Voltar

Rainer Maria Rilke

Wladimir, o pintor de nubes

Versión galega de Saleta Fernández

 

Están outra vez abatidos, superfluos, renegados, traidores en tódolos sentidos. Cada un empeza dende si e despreza todo para arriba e para abaixo.

Dende este sentimento di o barón:

—Non se pode vir máis a este café, nin periódicos, nin servicio, nin nada.

Os outros dous están totalmente de acordo.

E así seguen sentados arredor da pequena mesa de mármore que non sabe o que estes tres homes queren dela. Tranquilidade, só queren tranquilidade. O poeta exprésao tan clara coma onomatopeicamente.

—Psss, trapalladas –di de alí a media hora.

E de novo os outros dous comparten a súa opinión.

Seguen a esperar Deus sabe qué.

O pintor comeza a abanear unha perna. Contémplaa absorto un pouco. Despois atrapa o movemento e empeza a modo e con sensibilidade:

—Apatía, apatía, ti, o meu goce.

Entón xa vai sendo hora de deixalo. Marchan un tras doutro, cos colos subidos. O tempo tamén anda igual. Apetece chorar.

¿Que facer? Só resta unha posibilidade: entre cinco e seis ir á casa de Wladimir Lubowski, a unha penumbra. Claro. Adiante: Parkstraße 17. Estudio.

Para chegar ata Wladimir Lubowski hai que atravesa-las súas obras –fuma tódolos seus cadros—. Todo o estudio está cheo do fume fantástico. Podes considerarte afortunado se a través deste mar de néboa dás co camiño máis curto para o vello sofá xa gastado onde Wladimir vive, tódolos días.

Hoxe tamén, por suposto. Non se ergue e agarda tranquilo ós tres "traidores". Séntanse ó seu redor, cada un segundo o seu xeito e disposición. Nalgún sitio atoparon Chartreuse verde e cigarros. Naturalmente fan uso deles, sen máis, co xesto dos homes que se sacrifican continuamente. Os cigarros son dos requintados: ¡meu Deus, o que un chega a facer por amor a esta vida noxenta!

O poeta reclínase:

—¿Ou acaso esta vida non é unha chapuza, algo para diletantes?

Wladimir Lubowski non responde.

Ós outros gústalles esperar. Resulta estraño sentirse tan ben dentro desta escuridade perfumada. Non hai máis nada que facer que ficar quedo, entón un é levado e arrolado.

—¿Como fai para que non ula a casa a trementina, Lubowski? –pregunta o pintor dende arriba. E o barón engade:

—Pola contra, ¿ten flores nalgún sitio?

Silencio. Wladimir segue aló detrás das súas nubes. Mais os tres teñen paciencia. Teñen tempo e Chartreuse.

Xa saben: agardar, xa chegará.

E chega:

Fume, fume, fume e logo palabras lentas, agarimosas, que van polo mundo admirando as cousas dende lonxe. As nubes elévanse. Cúmulo de ascensións secretas.

Por exemplo:

Fume. "Iso é: os homes sempre andan á procura de Deus. Búscano na luz, que cada vez é máis fría e máis cortante, arriba". Fume. "E Deus espera noutro sitio –espera- no fondo de todo. Na profundidade. Onde están as raizames. Onde vai calor e está escuro...". Fume.

E o poeta empeza a andar dun lado para outro, de súpeto.

Os tres empezan a pensar no Deus que vive detrás das cousas - no lugar das Marabillas.

E logo:

"¿Ter – medo –?" Fume. "¿Para que?" Fume.

"Sempre estamos por riba del, coma se alguén estivese a suxeitar unha bonita fonte debaixo dun froito. Dourado, radiante na árbore, e cando o froito está maduro, sóltase".

Entón o pintor resga o fume cun movemento vehemente:

—Meu Deus... –di e atopa no sofá un pequeno home pálido de estraños ollos grandes. Ollos eternamente tristes detrás de todo o brillo, dunha alegría coma de muller. E mans moi frías.

E o pintor séntese torpe diante del, xa non sabe o que quería.

Por sorte o barón intervén:

—Debería pintar iso, Lubowski –o qué non o sabe o barón moi ben. De todos modos repite:

—De verdade, Lubowski. –e soa un pouco displicente, sen querer.

Entrementres, Wladimir fixo un camiño ancho: de espanto a través dun escuro asombro. Por fin sorrí e soña baixiño: "Si, mañá". Fume.

Entón xa non hai sitio no estudio para os tres. Empúrranse uns ós outros. Marchan todos:

–Adeus, Lubowski.

Na seguinte esquina danse as mans sacudíndoas cun ímpeto innecesario. Teñen présa por se desfaceren uns dos outros.

Sepáranse.

Un café pequeno e agradable. Ninguén dentro e lámpadas a zunir. O poeta empeza entón a escribir versos no sobre dunha carta recibida. A letra cada vez máis rápida e máis pequena; sénteos: veñen moitos, moitos.

Despois, cinco escaleiras arriba, no estudio do pintor, unha preparación para mañá. Cunha canción asubía o po do cabalete, o vello po. Coloca un lenzo novo, claro coma unha fronte. Apetece enfeitalo.

Só o barón está aínda de camiño.

—Ás once e media, no teatro Olympia, pola porta lateral –encoméndalle a un cocheiro e segue andando tranquilo. Aínda ten moito tempo para descansar e ir ó baño. Ninguén pensa en Wladimir Lubwoski.

Wladimir pecha a porta e espera que se faga de noite. Entón senta, pequeno, na beira do sofá e chora nas brancas mans aterecidas. Sáelle leve e baixiño, sen esforzo e sen patetismo. É o único que aínda non revelou, que só a el lle pertence. A súa soidade.