Voltar

Stendhal

Vittoria Accoramboni, Duquesa de Bracciano

Traducido por Paulo R. Ballesteros

 

  

Por malfado para min como para o lector, isto non é novela ningunha, senón a traducción fiel dun relatorio ben serio escrito en Padua en decembro do 1585.

Eu atopábame en Mantua hai algúns anos, procuraba bosquexos e cadros pequenos conformes coa miña pequena fortuna, mais queríaos de pintores anteriores ó ano 1600; contra esa data acabou de morre-la orixinalidade italiana, posta xa en gran perigo pola toma de Florencia en 1530.

Na vez de cadros, un vello patrucio moi rico e avarento mandoume ofrecer en venda, e ben caros, algúns vellos manuscritos amarelados polo tempo; eu pedín follealos; el consentiu, engadindo que fiaba na miña probidade para non me lembrar das anécdotas chocantes que tivese lido, de non merca-los manuscritos.

So esa condición, que me prougo, folleei eu, para gran perda dos meus ollos, trescentos ou catrocentos volumes onde foron compilados, el hai dous ou tres séculos, algúns relatorios de aventuras tráxicas, carteis de desafío relativos a duelos, tratados de pacificación entre nobres veciños, memorias sobre toda caste de asuntos, etc. O vello propietario demandaba un prezo enorme por estes manuscritos. Logo de moito relear, merquei ben caro o dereito de facer copiar certas historietas que me agradaban e que amosaban os costumes de Italia contra o ano 1500. Téñolles delas vintedous volumes en folio, e é unha desas historias fielmente traducidas a que o lector ha ler, de ter paciencia abonda. Eu sei da historia do século XVI en Italia, e coido que o que segue é totalmente certo. Téñome esforzado para, na traducción dese vello estilo italiano, grave, directo, soberanamente escuro e inzado de alusións ás cousas e mais ás ideas que ocupaban á xente baixo o pontificado de Sixto V (no 1585), non apareceren reflexos da bela literatura moderna e mais das ideas do noso século sen prexuízos.

O autor descoñecido do manuscrito é personaxe circunspecto, non xulga nunca un feito, non o adobía xamais; a súa única angueira é a de contar con verdade. Se algunha vez é pintoresco, sen o saber, é que, contra 1585, a vaidade non empanicaba tódolos feitos dos homes cun halo de afectación; coidábase poder influír no veciño só expresándose coa maior claridade posible. Contra o 1585, agás os bufóns mantidos nas cortes ou os poetas, ninguén matinaba en se facer querer polas falas. El non se dicía aínda: "Eu hei morrer ós pés da vosa maxestade", no intre de un mandar procurar cabalos para fuxir; era un xeito de traizón que non fora inventado. Falaban pouco e cadaquén puña máxima atención no que lle era dito.

Daquela, ¡lector benévolo!, non procure aquí un estilo punxente, lixeiro, escintilante de frescas alusións ás maneiras de sentir á voga; non agarde o lector, sobre todo, as emocións arroubantes dunha novela de George Sand; esa grande escritora había facer unha obra mestra coa vida e mais cos malfados de Vittoria Accoramboni. No relatorio presente que lle eu presento, lector, non pode haber senón os méritos ben modestos da historia. Cando por un casual, alguén, a corre-la posta só na bocanoite, lle aconteza cavilar na grande arte de coñece-lo corazón humano, poderá basea-los seus xuízos nas circunstancias da historia que aquí lle presento. O autor di todo, explica todo, non deixa ren que facer á imaxinación do lector; escribía el doce días despois da morte da heroína.

Vittoria Accoramboni naceu nunha familia nobre abondo, nunha viliña do ducado de Urbino, de nome Agubio. Dende a súa nenez, chamou a atención de todos por cousa dunha rara e extraordinaria beleza; mais esa beleza foi o seu máis pequeno engado: ren lle fallou do que pode facer admirable unha rapariga de nacemento ilustre; mais nada foi nela tan sobranceiro, e, pódese dicir que nada tivo tanto de prodixio, no medio de tantas calidades extraordinarias, coma un certo don engaiolante que, dende o primeiro intre, lle gañaba o corazón e maila vontade de calquera. E esta sinxeleza que daba imperio ás súas simples verbas non era toldada por sospeita ningunha de artificio; de primeiras, collíase confianza nesta dama dotada dunha tan extraordinaria beleza. A penas co máximo esforzo se había poder resistir a ese engaiolamento, con só a ver; mais se un a sentía falar, se sobre todo chegaba a parolar un algo con ela, era imposible de todo escapar a un engado tan extraordinario.

Unha morea de cabaleiros novos da cidade de Roma, onde habitaba o seu pai, e onde ollámo-lo seu pazo na praza Rusticuci, de par de San Pedro, arelaron obte-la súa man. Houbo celos a eito e ben de rivalidades; mais ó cabo os pais preferiron a Félix Peretti, sobriño do Cardeal Montalto, que foi logo o Papa Sixto V, venturosamente reinante.

A Félix, fillo de Camila Peretti, irmá do Cardeal, chamáronlle antes Francisco Mignucci; colleu o nome de Félix Peretti cando foi solemnemente adoptado polo seu tío.

Vittoria, en entrando na casa Peretti, levou alí, sen o querer, esa preeminencia que podemos chamar fatal e que a seguía en xalundes; de xeito que se pode dicir que, para a non adorar, cumpría non a ter visto xamais . O amor que o seu home tiña por ela chegaba case que a unha loucura certa; a súa sogra, Camila, e mailo propio Cardeal Montalto semellaban non ter na face da terra outra ocupación fóra de adiviña-los leceres de Vittoria para os procuraren satisfacer de contado. Roma enteira admirou cómo este Cardeal, coñecido pola escaseza da súa fortuna non menos ca polo seu noxo por toda caste de luxo, achaba un pracer tan constante en se adiantar a tódalas arelas de Vittoria. Nova, lampexante de beleza, adorada por todos, non deixaba ela de ter algúns antollos ben custosos. Vittoria recibía dos seus novos parentes alfaias do meirande prezo, perlas, e ó cabo canto semellaba máis raro e exquisito nas tendas dos ourives de Roma, daquela abondo fornecidos.

Polo amor desta sobriña cativadora, o Cardeal Montalto, tan coñecido pola súa severidade, tratou os irmáns de Vittoria coma se fosen sobriños seus. Octavio Accoramboni, non ben chegado á idade de trinta anos, foi, por intervención do Cardeal Montalto, designado polo Duque de Urbino e nomeado, polo Papa Gregorio XIII, Bispo de Fossambrone; Marcelo Accoramboni, mozo dunha coraxe fogaxenta, acusado de moitos crimes, e aburado con asaño pola "corte", escapara a gran custo das persecucións xudiciais que podían levalo á morte. Honrado coa protección do Cardeal, puido recobrar un algo de acougo.

Un terceiro irmán de Vittoria, Xulio Accoramboni, foi admitido polo Cardeal Alexandre Sforza no primeiro rango da súa corte, axiña que o Cardeal Montalto lle fixera tal demanda.

En dúas palabras, de os homes saberen medi-la súa felicidade, non pola insaciabilidade infinda dos seus desexos, mais polo goce real dos beneficios que xa posúen, o casamento de Vittoria co sobriño do Cardeal Montalto podería semellar ós Accoramboni o cumio das benandanzas humanas. Mais a arela insensata de proveitos inmensos e incertos pode cimbra-los homes máis ateigados dos favores da fortuna en ideas estrañas e cheas de perigos.

Ben, el é certo que se algún dos parentes de Vittoria, conforme moitos en Roma tiveron a sospeita, contribuíu, pola arela dunha meirande fortuna, a librala do seu home, houbo conxeito de recoñecer ben logo axiña cómo el fose máis cordo en se contentar coas vantaxes moderadas dunha fortuna saborosa, e que había atinxir ó dereito o píncaro de todo o que pode cobiza-la ambición dos homes.

Mentres Vittoria vivía como raíña na súa casa, unha noite na que Félix Peretti acababa de se meter no leito coa súa muller, remitiulle a el unha carta unha tal Catarina, nada en Boloña e camareira de Vittoria. A carta leváraa alí un irmán de Catarina, Domingos D´Aquaviva, alcuñado o "Manciño" (o coxeno). Este home fora banido de Roma por unha manchea de delictos; máis, a pregos de Catarina, Félix procuráralle a poderosa protección do seu tío o Cardeal, e o "Manciño" viña adoito pola casa de Félix, que tiña nel confianza abonda.

A carta da que falamos estaba escrita a nome de Marcelo Accoramboni, aquel de entre tódolos irmáns de Vittoria que era o máis estimado do seu home. El vivía o máis do tempo agachado fóra de Roma; mais ás veces arriscábase a entrar na vila, e daquela atopaba un acubillo na casa do Félix.

Na misiva remitida a aquela hora tan impropia, Marcelo chamaba no seu acorro ó seu cuñado Félix Peretti; conxurábao a o ir ver, e engadía que, por un asunto de maior urxencia, o agardaba cabo do pazo de Montecavallo. Félix participou á súa muller a singular carta que lle remitiran, logo arranxouse e non pillou outra arma cá espada. Acompañado dun só doméstico que levaba un facho aceso, estaba el a piques de saír cando, atrás dos seus pasos, atopou a súa nai Camila, tódalas mulleres da casa, e entre elas Vittoria mesma; todas lle pregaban con teimosía non saír daquela hora tan tardeira. Como el non se rendese ás súas súplicas, elas caeron de xeonllos, e, as bágoas nos ollos, conxurábano de as escoitar.

Estas mulleres, e sobre todo Camila, estaban arrepiadas polos contos das cousas raras que se vían pasar decote, e ficaban impunes naqueles tempos do pontificado de Gregorio XIII, cheos de balbordos e atentados inauditos. Estaban desacougadas, ademais, por unha idea: Marcelo Accoramboni, cando se arriscaba a entrar en Roma, non adoitaba mandar chamar a Félix, e un trámite semellante, a aquela hora da noite, parecíalles totalmente fóra de protocolo.

Cheo de todo o lume da súa idade, Félix non se rendía a eses motivos de medo; mais, en que el soubo que a carta a trouxera o "Manciño", home a quen quería abondo e ó que lle valera, nada puido coutalo e saíu da casa. Ía precedido, conforme se dixo, por un só criado cun facho aceso; mais a penas andara o pobre mozo algúns pasos da encosta de Montecavallo, caeu mancado por tres tiros de arcabuz. Os asasinos, véndoo no chan, guindáronse sobre el, e cribárono a eito con golpes de faca, ata lles parecer ben morto. Ó dereito, a nova fatal foi levada á nai e mais á muller de Félix, e, por elas, chegou ó Cardeal, seu tío.

O Cardeal, sen mudar de fasquía, sen delata-la menor emoción, fíxose revestir de contado cos seus hábitos, e logo encomendouse a Deus, e a aquela pobre alma (así collida de socato). Foi de seguida á casa da súa sobriña, e, cunha gravidade admirable e un aspecto de paz fonda, coutou os berros e mailos prantos femininos que comezaban a ecoar en toda a casa. A súa autoridade sobre aquelas mulleres foi dunha tal eficacia que, a partir dese momento, e mesmo no intre de tiraren o cadáver para fóra da casa, non se viu ou sentiu cousa da súa banda que se afastase un chisquiño do que acontece, nas familias máis regulares, polas mortes máis antevistas. Verbo do propio Cardeal Montalto, ninguén puido sorprender nel os sinais, aínda moderados da dor máis insignificante; non se trocou ren na orde e na aparencia exteriores da súa vida. Roma convenceuse diso ó dereito, ela que estudiaba coa súa curiosidade adoita os menores movementos dun home tan profundamente ofendido.

El aconteceu por acaso que, no día seguinte mesmo da morte violenta de Félix, o consistorio (dos Cardeais) foi convocado no Vaticano. Non houbo home en toda a vila que non coidase neste primeiro día, cando menos, que o Cardeal Montalto se había eximir desta función pública. ¡Alí, de certo, debía de aparecer diante dos ollos de tantas e tan curiosas testemuñas! Habíanse pescuda-los menores movementos desa fraqueza natural, e porén que é tan axeitado ocultar nun personaxe que, nun posto cimeiro, aspira a outro máis cimeiro aínda pois todo o mundo ha convir en que non é axeitado que quen cobiza encimarse por riba dos outros homes se amose un home coma os outros.

Mais as persoas que tiñan esas ideas enganáronse dobradamente, pois de primeiro, segundo o seu costume, o Cardeal Montalto foi dos primeiros en aparecer na sala do consistorio, e de segundo foilles imposible ós máis clarividentes descubriren nel un sinal calquera de sensibilidade humana. Pola contra, coas súas respostas a aqueles dos seus colegas que, verbo dun acontecemento tan cruel, o procuraron para lle dirixir verbas de conforto, soubo el encher a todo o mundo de abraio. A constancia e maila aparente impasibilidade da súa alma no medio de tan atroz malfado trocáronse axiña na rexouba da cidade.

Ben é certo que no mesmo consistorio algúns homes, máis destros na arte das cortes, atribuíron esta insensibilidade aparente non a unha falla de afecto, senón a manchea de disimulo; e esta maneira de ver foi ben axiña partillada pola multitude dos cortesáns, pois conviña non se amosar ferido de máis polo autor dunha afronta que era sen dúbida poderoso, e podía máis adiante quizais atravanca-lo camiño para a dignidade suprema.

Calquera que fose a causa desta insensibilidade aparente e completa, é un feito certo que inzou Roma enteira e maila corte de Gregorio XIII dunha caste de estupor. Mais, para volvermos ó do consistorio, en que, tódolos Cardeais xuntos, o Papa mesmo entrou na sala, virou axiña os ollos para o Cardeal Montalto, e viron esbagullar á Súa Santidade; canto ó Cardeal, os trazos da súa faciana non saíron en absoluto da inmobilidade habitual.

O abraio redobrou cando, no mesmo consistorio, o Cardeal Montalto tendo ido na súa vez a se axeonllar perante o trono da Súa Santidade, para lle render conta dos asuntos que eran da súa encarga, o Papa, antes de lle permitir comezar, non puido coutar desatarse en saloucos. Ó que a Súa Santidade estivo en disposición de falar, procurou conforta-lo Cardeal en lle prometendo que se había facer rápida e severa xustiza dunha aldraxe tan enorme. Mais o Cardeal, logo de agradecer moi humildemente á Súa Santidade, pregoulle non ordenar pescudas sobre o que acontecera, protestando que, pola súa banda, perdoaba de corazón o autor, quenquera que fose. E axiña despois deste rogo, expresado en moi poucas verbas, o Cardeal pasou ó detalle dos asuntos so a súa encarga, coma se nada de extraordinario tivese acontecido.

Os ollos de tódolos Cardeais presentes no consistorio estaban fitos no Papa e mais en Montalto; e, aínda que de seguro sexa ben difícil face-la camballota ó ollo destro dos cortesáns, porén ninguén ousou dicir que o rostro do Cardeal Montalto delatase a menor emoción ó ver tan de preto os saloucos da Súa Santidade; quen, para conta-la verdade, estaba por enteiro fóra de si. Esta insensibilidade abraiante do Cardeal Montalto non se desmentiu cousa durante o tempo do seu labor coa Súa Santidade. Foi deica o punto de o mesmo Papa ser abalado, e, rematado o consistorio, non se el puido coutar de dicirlle ó Cardeal de San Sixto, seu sobriño favorito:

Veramente, Costui é un gran frate! (¡De certo, eis un frade témero!).

O xeito de actuar do Cardeal Montalto non foi en absoluto diferente no decurso de tódolos días que seguiron. Conforme é o costume, recibiu as visitas de condolencia dos Cardeais, dos prelados e mais dos príncipes romanos; e con ningún, calquera que fose a súa relación con el, non se deixou levar a verba ningunha de dor ou de pranto. Con todos, logo dun curto razoamento sobre da inestabilidade das cousas humanas, confirmada e afortalada por sentencias e textos tirados das escrituras e mais dos padres, mudaba el axiña de discurso, e daba en falar das novas da vila ou dos asuntos particulares do personaxe co que se achaba, exactamente coma se quixese conforta-los seus confortadores.

Roma foi sobre todo curiosa do que pasaría durante a visita que lle había face-lo príncipe Paulo Giordano Orsini, Duque de Bracciano, a quen a vouga atribuía a morte de Félix Peretti. A xentiña coidaba que o Cardeal Montalto non se podía achar tan veciño do príncipe, e falarlle cara a cara, sen deixar aparecer ningún inicio dos seus sentimentos.

No intre de o príncipe vir á casa do Cardeal, o xentío era enorme na rúa e mais onda a porta; un gran número de cortesáns enchían tódalas pezas da casa, tanta era a curiosidade de espreitaren o rostro dos dous interlocutores. Mais, nin nun nin no outro, ninguén puido espreitar cousa extraordinaria. O Cardeal Montalto conformouse a todo o que prescribían as conveniencias da corte; deulle á súa faciana un ton de hilaridade ben marcado, e a súa maneira de lle parolar ó príncipe estivo chea de afabilidade.

De alí a un anaco, montando de novo na carroza, o príncipe Paulo, achándose só cos seus cortesáns íntimos, non puido escusar dicir rindo: In fatto, é vero che costui é un gran frate" (De certo, ¡el é ben verdade que este évos un frade témero!), coma se quixese confirma-la verdade da verba escapada ó Papa algúns días atrás.

Os solertes pensaron que o comportamento desenvolvido nesta circunstancia polo Cardeal Montalto lle achaiou o camiño do trono; pois moita xente colleu del a opinión de que, for por natureza ou por virtude, non sabía ou non quería prexudicar a quen fixera o crime, aínda que tivese el gran motivo de estar alporizado.

Félix Peretti non deixara nada escrito atinente á súa muller; tiña ela, xa que logo, que volver para a casa dos seus pais. O Cardeal Montalto fíxolle devolver, antes de ela partir, os vestidos, as alfaias e, en xeral, cantos presentes recibira mentres que ela era a muller do seu sobriño.

No terceiro día despois da morte de Félix Peretti, Vittoria, na compaña da súa nai, foise instalar no pazo do príncipe Orsini. Algúns dixeron que as mulleres foron levadas a esa determinación polo coidado da súa seguranza persoal, seica a "corte" as ameazaba como acusadas de "consentimento" no homicidio cometido, ou cando menos de que tiveran coñecemento antes da execución; outros pensaron (e o que sucedeu máis tarde semellou confirmar esta idea) que foron levadas a tal determinación para efectuaren o casamento, tendo prometido o príncipe a Vittoria desposala tan axiña coma ela non tivese marido.

Así e todo, nin daquela nin máis adiante se coñeceu con certeza o autor da morte de Félix, aínda que todos tivesen sospeitas de todos. A maioría, porén, atribuíalle esta morte ó príncipe Orsini; todos sabían que estivera namorado de Vittoria, e déralle diso mostras inequívocas; e o casamento que seguiu foi unha proba grande, pois a muller era dunha condición tan inferior que a soa tiranía da paixón de amor puido erguela deica a igualdade matrimonial. A xentiña non se arredou desta opinión por una carta dirixida ó gobernador de Roma, e que se divulgou poucos días despois do feito, esta carta estaba escrita co nome de César Palentieri, home novo dun carácter fogoso, e que fora estraña da vila.

Nesta carta, Palentieri dicía que era escusado que a Súa Ilustrísima se dese a angueira de procurar allur o autor da morte de Félix Peretti, pois que el mesmo o fixera matar por mor de certas diferencias xurdidas entre eles algún tempo atrás.

Unha morea coidou que ese asasinato non acontecera sen o consentimento da casa Accoramboni; acusaron ós irmáns de Vittoria, que foran cativados pola ambición de emparentaren cun príncipe tan podente e tan rico. Acusaron sobre todo a Marcelo, por cousa do indicio fornecido pola carta que fixo saír da súa casa ó malpocado Félix. Latricaron de Vittoria mesma, cando a viron consentir en se ir instalar no pazo dos Orsini como futura dona, tan preto da morte do seu home. Pretendían que é pouco probable chegarmos así nunha chisca a nos servir das armas pequenas, de non termos feito uso, por algún tempo tan sequera, das armas de longo alcance.

A información sobre desta morte foi feita por Monseñor Portili, gobernador de Roma, conforme ás ordes de Gregorio XIII. Nela aparece tan só que aquel Domingos, alcuñado "Manciño", detido pola "corte", confesa, e sen ser sometido a tortura ("tormentato"), no segundo interrogatorio, con data do 24 de febreiro do 1582:

"Que a nai de Vittoria foi a causa de todo e que se ela axudou da cameriera de Boloña, a cal, logo da morte, foise acubillar na cidadela de Bracciano (pertencente ó príncipe Orsini e onde a "corte" non ousou entrar), e que os executores do crime foron Machione de Gubbio e mais Paulo Barca de Bracciano, "lancie spezzate" (soldados) dun señor do cal, por dignas razóns, non se inseriu o nome."

A estas ‘dignas razóns’ xuntáronse, conforme eu penso, os rogos do Cardeal Montalto, quen demandou con teimosía non se levaren máis lonxe as pescudas; e, con efecto, non seguiu proceso. O "Coxeno" foi ceibado da cadea co precetto (orde) de volver directamente ó seu país, so pena da vida e de non se afastar xamais del sen unha licencia expresa. O ceibamento deste home ocorreu no 1583, o día de San Luís, e, como ese día era tamén o do nacemento do Cardeal Montalto, esta circunstancia afíncame máis cada vez na crenza de que o asunto rematou así a pedimento del. So un goberno tan feble coma o de Gregorio XIII, un proceso tal podía ter consecuencias ben desagradables e sen compensación ningunha.

Os movementos da "corte" foron así detidos, mais o Papa Gregorio XIII non quixo porén consentir en que o príncipe Paulo Orsini, Duque de Bracciano, desposase a viúva Accoramboni. A Súa Santidade, logo de lle ter inflixido a ela unha caste de prisión, deu o precetto ó príncipe e maila viúva de non contraeren matrimonio ámbolos dous en caso ningún sen unha licencia expresa del ou dos seus sucesores. Gregorio XIII morreu ó cabo (no comezo do 1585), e os doutores en dereito, consultados polo príncipe Paulo Orsini, tendo respondido estimaren anulado o precetto pola morte de quen o impuxera, o tal determinou casar con Vittoria antes da escolla dun novo Papa. Mais o casamento non se puido facer tan axiña como o príncipe o arelaba, en parte por el quere-lo consentimento dos irmáns de Vittoria; e aconteceu que Octavio Accoramboni, bispo de Fossombrone, non quixo nunca da-lo seu, e en parte por non coidar que a escolla do sucesor de Gregorio XIII había ocorrer tan de contado. O feito é que o casamento non se fixo deica o día mesmo en que foi nomeado Papa o Cardeal Montalto, tan interesado no asunto, isto é o 24 de abril do 1585, ben que fose obra do acaso, ben que o príncipe estivese reloucante por amosar que non lle puña máis medo a "corte" so o novo Papa do que llo puxera so Gregorio XIII.

Este casamento mancou fondamente a alma de Sixto V (pois tal foi o nome escollido polo Cardeal Montalto); xa el abandonara as maneiras de pensar axeitadas a un frade, e encimara a súa alma ó altor do grao en que Deus acababa de o pór.

O Papa non deu, porén, sinal ningún de carraxe; só que, presentándose o príncipe Orsini naquel mesmo día coa grea toda dos señores romanos para lle bica-lo pé, e coa intención secreta de tentar de ler nos trazos da cara do Santo Padre o que había agardar ou temer dese home ata daquela tan pouco coñecido, decatouse de que non era xa tempo de chufas. Tendo ollado o novo Papa ó príncipe dun xeito singular, e non dando ningunha falta dos cumprimentos que lle el dirixiu, este tomou a resolución de descubrir ó dereito cáles eran as intencións da Súa Santidade a respecto del.

Por medio de Fernando, Cardeal de Médici (irmán da súa primeira muller e mais do embaixador católico), demandou e acadou do Papa unha audiencia na súa cámara: alí dirixiu á Súa Santidade un discurso arranxado, e, sen facer mención das cousas pasadas, rexubilouse co Papa con ocasión da súa nova dignidade, e ofreceulle, coma un moi fiel vasalo e servidor, todo o seu haber e mais tódalas súas forzas. O Papa escoitouno cunha seriedade extraordinaria, e ó cabo respondeulle que ninguén arelaba máis ca el a vida e mailos feitos de Paulo Giordano Orsini seren no porvir dignos do sangue Orsini e dun verdadeiro cabaleiro cristián; que, canto ó que fora no pasado para a Santa Sé e mais para a súa persoa, a do Papa, ninguén o podía dicir mellor do que a propia conciencia do príncipe; que, porén, el, o príncipe, podía estar certo dunha cousa, a saber: que do mesmo xeito que o perdoaba de grado o que puidera el ter feito contra Félix Peretti e mais contra Félix, Cardeal Montalto, nunca lle había perdoa-lo que no porvir puidese facer contra do Papa Sixto; que, xa que logo, intimábao a ir ó dereito afastar da súa casa e mais dos seus estados a tódolos brigantes (estrañados) e malfeitores a quen, deica o momento presente, dera acubillo.

Sixto V tiña unha eficacia singular, calquera que fose o ton do que se quixese servir falando; mais, cando estaba alporizado e ameazante, diríase que os seus ollos faiscaban. O que hai de certo é que o príncipe Paulo Orsini, afeito dende sempre a teméreno os Papas, foi levado a cavilar tan en serio nos seus negocios polo xeito de falar deste, cousa que non tiña el escoitado nin de lonxe no decurso de trece anos, que non ben saír do pazo da Súa Santidade correu á casa do Cardeal de Médici para lle conta-lo que acababa de suceder. Logo resolveu, por consello do Cardeal, despedir, sen a menor delonga, tódolos homes aburados da xustiza ós que el daba acubillo no seu pazo e mais nos seus estados, e matinou ben axiña en procurar algún pretexto honroso para saír de contado dos países suxeitos ó poder de Pontífice tan resolto.

El cómpre sabermos que o príncipe Paulo Orsini chegou a ser dunha gordura desconforme; as pernas eran máis grosas do que o corpo dun home corrente; e unha desas pernas enormes estaba magoada do mal que chaman la lupa (a loba), así nomeada por cumprir para a manter carne fresca abonda que se aplica sobre da parte afectada; outramente, o humor violento, en non atopando carne morta para engulipar, cimbraríase contra das carnes vivas que o arrodean.

O príncipe pillou escusa neste mal para ir ós célebres baños de Albano, preto de Padua, país dependente da República de Venecia; partiu el coa súa nova dona contra o medio de xuño. Albano era un porto ben seguro para el; pois, dende había unha chea de anos, a casa Orsini estaba enleada coa República de Venecia por servicios recíprocos.

Vido a esta terra de seguranza, o príncipe non pensou senón en se folgar cos aliciamentos de varias mansións; e, nese designio, alugou el tres magníficos pazos: un en Venecia, o pazo Dándolo, na rúa da Zecca; o segundo en Padua, e foi o pazo Foscarini, sobre a magnífica praza chamada A Arena; escolleu o terceiro en Saló, cabo da beira deliciosa do Lago de Garda: aquel do final pertencera noutrora á familia Sforza Pallavicini.

Os señores de Venecia (o goberno da República) souberon con pracer da vinda ós seus estados dun príncipe tal, e ofrecéronlle axiña unha ben nobre condotta (é dicir, unha suma considerable paga cada ano, e que tiña que ser empregada polo príncipe na recruta dun corpo de dous ou tres mil homes, do cal había te-lo comando). O príncipe desenleouse desta oferta con moito espelimento; mandou responder ós senadores que, aínda que por unha inclinación natural e hereditaria na súa familia se sentía el levado polo corazón a servir á Serenísima República, porén, ó se achar ó presente suxeito ó rei católico, non lle semellaba aguisado aceptar outra obriga. Unha resposta tan expedita amornou un algo o entusiasmo dos senadores. Ó primeiro pensaran en lle facer, á súa chegada a Venecia e no nome de todo o pobo, un acollemento abondo honorable; determinaron eles, por mor da tal resposta, deixar que el chegase como un mero particular.

O príncipe Orsini, ciente de todo, resolveu non ir tan sequera a Venecia. Estaba xa na veciñanza de Padua; deu unha volta por este país admirable e dirixiuse con todo o seu séquito á casa arranxada para el en Saló, nas beiras do lago de Garda. Botou alí todo o verán no medio dos pasatempos máis agradables e variados.

En chegando a época da mudanza (de mansión), o príncipe fixo algunhas viaxatas, de resultas das cales lle pareceu non poder atura-lo cansazo coma antes; púxolle medo a súa saúde; ó cabo matinou en ir botar uns días en Venecia, mais arredouno a súa muller, Vittoria, que o pulou a seguir en Saló.

El houbo xentes que coidaron Vittoria Accoramboni se decatara do perigo que corrían os días do príncipe, seu marido, e que ela non o pulou a ficar en Saló senón co propósito de o arrastrar máis adiante fóra de Italia, como por exemplo a algunha vila libre, nas Suízas; por este medio ela puña en seguranza, no caso da morte do príncipe, a súa persoa e mais tamén a súa fortuna particular.

Que esta conxectura estivese fundada ou non, o feito é que ren dela aconteceu, pois sendo atacado o príncipe dunha nova indisposición en Saló, o 10 de novembro, tivo axiña o presentimento do que había acontecer.

Tivo el mágoa da súa malfadada muller; víaa, na máis bela flor da súa mocidade, quedar pobre tanto de sona coma de bens de fortuna, aborrecida polos príncipes reinantes en Italia, pouco amada dos Orsini, e sen esperanza doutro casamento despois de el morrer. Como señor magnánimo e de fe leal, fixo, pola súa propia iniciativa, un testamento no que quixo asegura-lo fado daquela malfadada. Deixoulle en diñeiro ou en alfaias a importante contía de cen mil piastras, por riba de tódolos cabalos, carrozas e mais mobles dos que se el axudaba naquela viaxe. O resto todo da súa fortuna deixoullo a Virxinio Orsini, o seu fillo único, que tivera da súa primeira muller, irmá de Francisco I, grande duque da Toscana (aquela mesma que fixo matar por infidelidade, co acordo dos seus irmáns).

¡Mais, que incertas son as previsións dos homes! As disposicións que Paulo Orsini coidaba que lle habían de asegurar unha perfecta seguranza a aquela malfadada rapariga viraron para ela en precipicios e en ruína.

Logo de asina-lo seu testamento, o príncipe achouse un pouco mellor, o 12 de novembro. Na mañá do 13 sangrárono, e os médicos, ó fiaren só nunha dieta severa, deixaron as ordes máis precisas de que non tomase alimento ningún.

Mais non ben eles saíron do cuarto, o príncipe esixiu que lle desen de xantar; ninguén ousou contradicilo, e comeu e bebeu coma decote. Non ben rematou o almorzo cando o príncipe perdeu o acordo, e dúas horas antes de pórse o sol estaba morto. Logo desta morte súbita, Vittoria Accoramboni, acompañada de Marcelo, seu irmán, e mais da corte toda do príncipe defunto, volveu a Padua, ó pazo Foscarini, situado preto da "Arena", aquel mesmo que o príncipe Orsini arrendara.

Pouco despois de ela chegar xuntóuselle-lo seu irmán Flaminio, que gozaba de todo o favor do Cardeal Farnesio. Ocupouse ela entón dos pasos necesarios para acada-lo pagamento da manda que lle fixera o seu home; a tal manda subía a sesenta mil piastras en efectivo que lle habían ser pagas no termo de dous anos, e fóra do dote, do contradote e mais de tódalas alfaias e mobles que estivesen no seu poder. O príncipe Orsini dispuxera no seu testamento que en Roma, ou noutra vila, á escolla da duquesa, lle mercasen un pazo do valor de dez mil piastras e mais un viñal (casa de campo) de seis mil; mandara alén diso que fornecesen a súa mesa e mais todo o seu servicio conforme acaía a unha muller do rango dela. O servicio había ser de corenta criados, cun número de cabalos parello.

A signora Vittoria tiña esperanza abonda no favor dos príncipes de Ferrara, de Florencia e mais de Urbino, e mais tamén no dos cardeais Farnesio e de Médici, nomeados testamenteiros polo finado príncipe. Cómpre salientar que o testamento fora remitido a Padua, e sometido ás luces dos excelentísimos Parrizolo e Menochio, primeiros profesores desa universidade e hoxe en día tan célebres xurisconsultos. O príncipe Luís Orsini veu a Padua para cumpri-lo que tiña que facer referente ó finado duque e mais á súa viúva, e tornou de seguida ó goberno da illa de Corfú, para o que fora nomeado pola Serenísima República.

El abrollou de primeiras un atranco entre a signora Vittoria e o príncipe Luís, verbo dos cabalos do finado duque, que o príncipe dicía non seren mobles de seu conforme o xeito corrente de falar; máis a duquesa probou que debían ser considerados como mobles de seu propios, e el resolveuse que ela había usalos deica decisión ulterior; a duquesa presentou como garante o signor Soardi de Bérgano, condottiero dos señores venecianos, xentilhome abondo rico e dos primeiros da súa patria.

El xurdiu outro atranco respecto dunha certa cantidade de vaixela de prata, que o finado Duque remitira ó príncipe Luís en peñor dunha suma de diñeiro que lle este emprestara. Todo se decidiu por vía xudicial, pois o Serenísimo (Duque) de Ferrara atafegábase porque as derradeiras disposicións do finado príncipe Orsini tivesen cabal cumprimento.

Este segundo asunto resolveuse o 23 do Nadal, que era un domingo. Á noite seguinte, corenta homes entraron na casa da devandita señora Accoramboni. Ían vestidos cuns hábitos de tea cortados dun xeito choqueiro e arranxados de maneira de eles non poderen ser recoñecidos senón pola voz; e, ó se chamaren entre eles, usaban certos nomes de xermanía.

Procuraron de primeiro a persoa da duquesa, e, en achándoa, un deles dixo:

–Agora, el cómpre morrer.

E, sen lle outorgar un momento, aínda que ela demandaba de se encomendar a Deus, picouna el cun puñal estreito por baixo do seo esquerdo, e remexendo co puñal en tódalas direccións, o cruel requiriu varias veces á malpocada de lle dicir se lle atinxía no corazón; ó cabo ela ceibou o suspiro derradeiro. Entrementres, os outros procuraban os irmáns da duquesa, un dos cales, Marcelo, salvou a vida por non o atoparen na casa; o outro furárono con cen coiteladas. Os asasinos deixaron os mortos no chan, toda a casa en prantos e berros. E, ó apreixaren a arqueta que contiña as alfaias e mailo diñeiro, marcharon.

A nova chegou de contado ós maxistrados de Padua; fixeron identifica-los mortos e deron conta a Venecia.

Durante o luns todo, a concorrencia foi inmensa no dito prazo e mais na Igrexa dos Ermitáns para veren os cadáveres. Os curiosos eran tocados de mágoa, en particular en vendo a duquesa tan fermosa: choraran o seu malfado, "et dentibus fremebant" ("e ruxían cos dentes") contra dos asasinos; mais os seus nomes aínda non eran sabidos.

En que a "corte" deu en sospeitar, por fortes indicios, de que a cousa fora feita polas ordes, ou cando menos co acordo, do devandito príncipe Luís, fíxoo chamar, e el, querendo entrar "in corte" (no tribunal) do moi Ilustre Capitán cun séquito de corenta homes armados, atravancáronlle a porta, e dixéronlle que entrase con tres ou catro soamente. Mais, no intre de estes pasaren, os outros cimbráronse a seguir deles, afastaron os gardas e entraron eles todos.

O príncipe Luís, chegado perante o moi Ilustre Capitán, doeuse dunha tal afronta, alegando non ter recibido un tratamento parello de príncipe soberano ningún. O moi Ilustre Capitán despois de lle preguntar se sabía el algunha cousa tocante á morte da signora Vittoria, e do que acontecera a noite precedente, respondeu que sabía, e que mandara del daren conta á xustiza. Quixeron pó-la súa resposta por escrito; retrucou el que os homes do seu rango non estaban suxeitos a tal formalidade, e, parellamente non debían de ser interrogados.

O príncipe Luís demandou a licencia de despachar un correo a Florencia cunha carta para o príncipe Virxinio Orsini, na que lle el daba conta do proceso e mais do crime sobrevido. Amosou unha carta arremedada que non era a verdadeira, e acadou o que demandaba.

Mais o home despachado foi detido fóra da vila e esculcado polo miúdo; atoparon a carta que o príncipe amosara, e mais unha segunda carta agachada nas botas do correo; ela era do teor seguinte:

Ó señor Virxinio Orsini

Moi ilustre señor:

Puxemos en obra o que fora convido entre nosoutros, e de tal xeito, que enredámo-lo moi Ilustre Tondini (seica o nome do xefe da "corte" que interrogara ó príncipe), tan ben que me teñen aquí polo máis cumprido home do mundo. Fixen a cousa en persoa, así que non deixedes de enviar ó dereito a xente que sabedes.

Esta carta impresionou os maxistrados; bulíronse a enviala a Venecia; pola súa orde as portas da vila foron pechadas, e as murallas fornecidas de soldados noite e día. Foi publicado un bando que anunciaba penas severas para quen, tendo coñecemento dos asasinos, non comunicase o que sabía á xustiza. Aqueles dos asasinos que testemuñasen contra un dos seus non serían aburados de xeito ningún, e mesmo lles habían pagar unha cantidade de diñeiro. Mais sobre as sete horas da noite, a véspera do Nadal (o 24 de decembro, contra da media noite), Aloísio Bragadín veu de Venecia con amplos poderes de parte do Senado, e a orde de facer deter vivos ou mortos, e a calquera custo, o devandito príncipe e mais tódolos seus.

O dito señor ’avogador’ Bragadín, e mailos señores Capitán e ‘Podestá’ xuntáranse na fortaleza.

Mandouse, so pena do barazo ("della forca"), toda a milicia de a pé ou de a cabalo se presentar ben munida de armas arredor da casa do dito príncipe Luís, veciña da fortaleza e contigua da igrexa de Santo Agostiño da Arena.

Chegado o día (que era o do Nadal), publicouse un edicto na vila, no que exhortaban os fillos de San Marcos que corresen en armas á casa do signor Luís; os que non tiñan armas eran chamados á fortaleza, onde lles habían dar cantas quixeren; este edicto prometía unha recompensa de dous mil ducados a quen entregase á corte, vivo ou morto, o devandito signor Luís, e cincocentos ducados pola persoa de cada un dos seus homes. Alén diso, había orde de que os que non fosen provistos de armas non se achegaren á casa do príncipe, por mor de non tolleren os que se batesen, caso de o príncipe xulgar oportuno facer algunha saída.

Asemade, colocáronse fusís de muralla, morteiros e mais artillería grosa sobre os vellos muros, fronte da casa ocupada polo príncipe; puxéronse tamén nas murallas novas, dende as que se ollaba a traseira da sobredita casa. Desta banda situaron a cabalería, de maneira que se puidese mover libremente, de haberen mester da súa intervención. Nas beiras do río ocupáronse en dispor escanos, armarios, carros e outros mobles propios para faceren oficio de parapetos. Coidaban, por este medio, pexa-los movementos dos asediados, de eles tentaren marchar contra a xente en orde pechada. Estes parapetos habían tamén servir para defenderen os artilleiros e mailos soldados contra das arcabuzadas dos asediados.

De remate, situaron lanchóns no río, de fronte e nas bandas da casa do príncipe, que ían cheos de homes armados de mosquetes e mais doutras armas propias para bouraren o inimigo, se el tentaba unha saída; asemade erguéronse barricadas en tódalas rúas.

Durante estas preparacións veu unha carta, redactada en termos abondo comedidos, na que o príncipe se laiaba de ser xulgado culpable e de verse tratado como inimigo, e mesmo como rebelde, antes de teren examinado o asunto. Esta carta fora redactada por Liveroto.

O 27 do Nadal, os maxistrados enviaron tres xentilhomes, dos principais da vila, ó señor Luís, quen tiña onda el, na súa casa, corenta homes, todos vellos soldados afeitos ás armas. Acháronos ocupados en se afortalaren cos parapetos feitos de táboas e mais colchóns mollados, e a arranxaren os seus arcabuces.

Os tres xentilhomes declaráronlle ó príncipe que os maxistrados estaban resoltos a se adonar da súa persoa, exhortárono a se render, engadindo que, con esta determinación, antes de chegaren ás vías de feito, podía agardar deles algunha misericordia. Ó cal o signor Luís respondeu que se, primeiro de todo, os gardas colocados en volta da súa casa eran retirados, el había renderse perante os maxistrados acompañado de dous ou tres dos seus homes, para trataren do asunto, so a condición expresa de ser el sempre libre de tornar á súa casa.

Os embaixadores recadaron estas proposicións escritas da man del, e volveron onda os maxistrados, que rexeitaron as condicións, especialmente seguindo os consellos do moi Ilustre Pío Enea e mais doutros nobres presentes. Os embaixadores volveron cabo do príncipe, e anunciáronlle que, de el non renderse pura e simplemente, ían achaia-la súa casa coa artillería; ó que el respondeu mellor quere-la morte ca ese acto de submisión.

Os maxistrados deron o sinal da batalla, e, aínda que puidesen destruír case que por enteiro a casa dunha soa descarga, quixeron mellor actuar ó primeiro con certos miramentos, por veren se os asediados non consentían en se render.

A cousa resultou, e aforrou a San Marcos ben de diñeiro, que se había desprender en reconstruíren as partes derrubadas do pazo atacado; porén, non foi aprobado por todos. De os homes do signor Luís actuaren sen hesitación, e cimbrado fóra da casa, o resultado había ser abondo incerto. Eran vellos soldados; non carecían de municións, nin de armas, nin de coraxe, e, sobre todo, tiñan o meirande interese en venceren; ¿el non valía máis, aínda pondo as cousas no peor, morrer dun tiro de arcabuz ca pola man do verdugo? Doutra banda, ¿el con quen se tiñan que apañar? Con malpocados asediadores, pouco habelenciosos nas armas; e os señores, neste caso, habíanse arrepentir da súa clemencia e mais da súa bondade natural.

Principiaron, logo, a bate-la columnata que había na fronte da casa; axiña, tirando sempre un chisco máis alto, demoleron o muro da fachada que estaba detrás. Entrementres, a xente de dentro tirou arcabuzadas a eito, mais sen outro efecto que feriren no lombo un home do pobo.

O signor Luís berraba con grande pulo:

–¡Batalla!, ¡batalla!, ¡guerra!, ¡guerra!

Estaba el ben ocupado en facer fundir balas co estaño das bandexas e co chumbo dos vidros das fiestras. Ameazaba con facer unha saída, mais os asediadores tomaron novas medidas, e fixeron avanzar artillería de máis groso calibre.

Co primeiro canonazo que ela chimpou, fixo esborrallar un bo anaco da casa, e un certo Pandolfo Leupratti de Camerino tombou entre as ruínas. Era el un home de grande afouteza e un bandido de grande importancia. Fora expulsado dos Estados da Santa Igrexa, e a súa testa puxéraa ó prezo de catrocentas piastras o moi ilustre señor Vitelli, pola morte de Vicente Vitelli, o cal fora atacado na súa carruaxe, e morto a tiros de arcabuz e a facadas, por obra do príncipe Luís Orsini, pola man do devandito Pandolfo e mailos seus compañeiros. Todo abouxado pola caída, Pandolfo non se podía remexer; un criado dos señores Caidi Lista adiantou cara a el armado dunha pistola, e, moi coraxudamente, cortoulle a testa, que el buliu a levar á fortaleza e remitírllela ós maxistrados.

Pouco despois, outro golpe de artillería derrubou unha parede da casa, e asemade o Conde de Montemelino de Perusa, e morreu el entre as ruínas, todo esmendrellado pola bala.

Viron logo saír da casa un personaxe nomeado o Coronel Lourenzo, dos nobres de Camerino, home abondo rico e que en ben de feitas tiña dado mostras de coraxe e era abondo estimado polo príncipe. Determinou non morrer por enteiro sen vinganza; quixo dispara-lo seu fusil, mais aínda que a roda virase, ocorreu, tal vez pola permisión de Deus, que o arcabuz non fixo fogo, e nese intre tivo o corpo traspasado dunha bala. O tiro disparárao un ninguenciño, monitor dos escolares en San Miguel. E mentres que este, por gaña-la recompensa prometida, se acaroaba para lle corta-la testa, foi adiantado por outros máis lixeiros e, sobre todo, máis fortes ca el, os cales pillaron a bolsa, o cinto, o fusil, os cartos e mailas sortellas do Coronel e cortáronlle a cabeza.

Mortos aqueles homes, nos que o príncipe Luís tiña a máxima confianza, ficou el moi abafado, e non lle viron xa facer movemento ningún.

O señor Filenfi, o seu mordomo da casa e secretario en traxe civil, fixo dende un balcón, cun pano de man branco, sinal de se render. Saíu e foi levado á cidadela, "collido do brazo", conforme din que é costume na guerra, por Anselmo Suardo, tenente dos señores (maxistrados).

Interrogado ó dereito, dixo el non ter culpa ningunha no que se pasara, pois que só na véspera do Nadal viñera de Venecia, onde tivera que parar varios días por mor dos asuntos do príncipe. Preguntáronlle a cantidade de homes que tiña con el o príncipe; respondeu:

–Vinte ou trinta persoas.

Demandáronlle os seus nomes, respondeu que había alí oito ou dez que, sendo persoas de calidade, comían, o mesmo ca el mesmo, á mesa do príncipe, e que daqueles sabía os nomes, mais que dos outros, xentes de vida vagabunda e vidos de pouco ó carón do príncipe, non tiña el coñecemento particular ningún.

Nomeou trece persoas, nelas incluído o irmán de Liveroto.

Pouco despois, a artillería, colocada sobre as murallas da vila, principiou a traballar. Os soldados dispuxéronse nas casa veciñas á do príncipe para coutaren a fuxida dos seus homes. O devandito príncipe, que tiña corrido os mesmos perigos do que os dous homes dos cales contámo-la morte, dixo ós que o arrodeaban que termasen deica veren un escrito da súa man acompañado dun certo sinal; logo do cal rendeuse ó tal Anselmo Suardo, xa nomeado máis arriba. E por non poderen levalo en carroza, conforme era prescrito, por cousa da morea de xente e mais das barricadas ergueitas nas rúas, el resolveuse que había ir a andar.

Marchou no medio da xente de Marcelo Accoramboni; tiña ás súas beiras os señores Condottieri, o tenente Suardo, outros capitáns e fidalgos da cidade, todos moi ben fornecidos de armas. Viña a seguir unha boa compañía de homes de armas e de soldados da vila. O príncipe Luís ía vestido de teixo, o seu estilete á banda e a súa capa ergueita baixo o brazo cunha fasquía abondo elegante; dixo el cun sorriso cheo de desdén: "¡Se combatese!", querendo case que facer entender que tería gañado. Levado perante os señores saudounos logo, e dixo:

–Señores, son preso deste xentilhome –amosando o signor Anselmo–, e estou ben doído do que aconteceu, que non pendeu de min.

En que mandou o capitán tirárenlle o estilete que levaba á banda, apoiouse nun balcón e comezou a corta-las unllas cunhas tesoiriñas que atopou alí.

Preguntáronlle qué persoas tiña na súa casa; nomeou entre outras o Coronel Liveroto e mailo conde Montemelino, de quen xa se falou máis arriba, engadindo que daría mil piastras por rescatar un deles, e que polo outro había dar mesmo o seu sangue. Demandou que o puxesen nun lugar axeitado a un home tal coma el. A cousa así convida, escribiu da súa man ós seus homes, ordenándolles que se rendesen, e deu a súa sortella por sinal. Dixo ó signor Anselmo que lle el daba a súa espada e mailo seu fusil, pregándolle, ó que se achasen as súas armas na súa casa, se servir delas por amor del, como sendo armas dun xentilhome e non dalgún soldado corrente.

Os soldados entraron na casa, pescudárona ó xeiteniño, e axiña convocaron os homes do príncipe, que resultaron ser no número de trinta e catro, logo do cal leváronos de a dous á cadea do pazo. Os mortos deixáronos para prea dos cans, e bulíronse a render conta de todo a Venecia.

Decatáronse de moitos soldados do príncipe Luís, cómplices do feito, non se acharen alí; privouse dárenlles asilo, so pena, para os contraventores, do derrubo das súas casas e mais da confiscación dos bens; aqueles que os denunciasen habían recibir cincuenta piastras. Por estes medios, acadarmaron unha chea deles. Despachouse de Venecia unha fragata a Candía, levando orde para o signor Latino Orsini de volver ó dereito por asunto de grande importancia, e cóidase que perderá o seu cargo.

Onte á mañá, que foi o día de Santo Estevo, todo o mundo agardaba ver morre-lo devandito príncipe, ou sentir contar que se esganara na cadea; e foi sorpresa xeral que fose outramente, visto que non é el paxaro para ter moito tempo na gaiola. Mais na noite seguinte celebrouse o xuízo, e, o día de San Xoán, un pouco antes do albor, sóubose que o dito señor fora esganado e que morrera moi ben disposto. O seu corpo foi trasladado sen delonga á catedral, acompañado pola clerecía da sobredita igrexa e mais polos padres xesuítas. Deixárono o día todo riba dunha táboa no medio da igrexa, para servir de espectáculo ó pobo e mais de espello ós inexpertos.

No outro día, levaron o seu corpo a Venecia, conforme dispuxera el no seu testamento, e aló o soterraron.

O sábado enforcaron dous dos seus homes; o primeiro e mailo principal foi o Furio Savorgnano, o outro unha persoa vil.

O luns, que foi o penúltimo día do ano devandito, penduraron a trece, entre os que había moitos que eran ben nobres; outros dous, un dito o Capitán Splendiano e o outro o Conde Paganello, foron levados ó traveso da praza e atenazados de lene; chegados ó lugar do suplicio, bouráronos, crebáronlle-la testa, e foron escartexados, estando aínda case que vivos. Estes homes eran nobres, e, antes de se eles daren ó mal, eran ricos abondo. Disque o Conde Paganello foi quen matou á signora Vittoria Accoramboni coa crueldade que se relatou. Oponse a iso que o príncipe Luís, na carta citada máis arriba, atesta ter el feito a cousa pola súa man; poida que fose por fampa, coma a que amosou en Roma facendo asasinar a Vitelli, ou ben para máis merecer no favor do príncipe Virxinio Orsini.

O Conde Paganello, denantes de recibi-lo golpe mortal, foi picado varias veces cun coitelo por baixo do seo esquerdo, para lle tanxeren o corazón conforme el lle fixera á pobre señora. Aconteceu entón que vertía do peito coma un río de sangue. Viviu así el máis de media hora, para grande abraio de todos. Este era un home de corenta e cinco anos que revelaba forza abonda.

As forcas patibulares están ergueitas aínda para despacharen os dezanove que restan, o primeiro día que non sexa de festa. Mais, como o verdugo está cansadísimo, e a xente como agoniada por ter visto tantos mortos, difírese a execución por estes dous días. Non se pensa deixar con vida a ningún. Quizais non haxa outra excepción, entre os homes adictos ó príncipe Luís, cá do signor Filenfi, o seu mordomo da casa, quen se está a atafegar a eito, e de certo a cousa é importante para el, co obxecto de amosar que non tivo parte ningunha no feito.

Ninguén se lembra, entre os máis anciáns desta vila de Padua, de xamais, por unha sentencia máis xusta, se ter procedido contra da vida de tantas persoas dunha soa volta. E estes señores (de Venecia) acadaron boa sona e creto cabo das nacións máis civilizadas.

(Engadido por outra man:)

Francisco Filenfi, secretario e maestro di casa, foi condenado a quince anos de cadea. O copeiro (copiere) Honorio Adami de Fermo, así coma outros dous, a un ano de cadea; outros sete foron condenados ás galeas con ferros nos pés, e, para remate, sete deixáronos ceibes.

 

 

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2000
© da tradución Marifé Paulo Rei Ballesteros, 2000