Prefacio
A ciencia histórica déixanos na incerteza sobre os individuos.
Só nos revela os puntos polos que se vincularon ás accións
xerais. Dinos que Napoleón estaba doente o día de Waterloo,
que hai que atribuí-la excesiva actividade intelectual de Newton
á continencia absoluta do seu temperamento, que Alexandre estaba
bébedo cando matou a Clitos e que a fístula de Luís
XIV puido se-la causa dalgunhas das súas resolucións.
Pascal razoa sobre se o nariz de Cleopatra fora máis curto, ou
sobre un gran de area na uretra de Cromwell. Todos eses feitos individuais
só teñen valor porque modificaron os acontecementos ou
porque puideron desvia-la súa sorte. Son causas reais ou posibles.
Hai que deixalas ós eruditos.
A arte está no lugar oposto ás ideas xerais, só
describe o individual, só desexa o único. Non clasifica;
desclasifica. No que a nós nos ocupa, as nosas ideas xerais poden
parecerse ás que teñen curso no planeta Marte e tres liñas
que se cortan forman un triángulo en tódolos puntos do
universo. Pero ollade a folla dunha árbore, coas súas
nervacións caprichosas, as súas tinguiduras variadas pola
sombra e o sol, a inchazón que levantou nela a caída dunha
gota de chuvia, a picadura que deixou un insecto, o rastro arxentífero
do caracoliño, o primeiro dourado mortal que o outono marca nela;
procurade unha folla exactamente semellante en tódalas grandes
fragas da terra: desafíovos. Non hai ciencia do tegumento dun
folíolo, dos filamentos dunha célula, da curvatura dunha
vea, da teima dun hábito, das voltas dun carácter. Que
tal home tivese o nariz torto, un ollo máis alto có outro,
a articulación do brazo nodosa; que estivese afeito a comer a
tal hora unha peituga de polo, que preferise o Malvoisie ó Château-Margaux,
iso é o que non ten paralelo no mundo. Do mesmo xeito que Sócrates,
Tales podería ter dito GNOSCIEAUTON pero non fregaría
a perna da mesma maneira na cadea, antes de bebe-la cicuta. As ideas
dos grandes homes son o patrimonio común da humanidade: cada
un deles só posuía en verdade as súas rarezas.
O libro que describise un home en tódalas súas anomalías
sería unha obra de arte coma unha estampa xaponesa na que se
ve perpetuamente a imaxe dun verme visto unha vez a unha hora precisa
do día.
As historias quedan silenciosas sobre esas cousas. Na ruda colección
de materiais que procuran as testemuñas, non hai moitas rupturas
singulares e inimitables. Os biógrafos antigos son especialmente
avarentos. Non estimando a penas máis que a vida pública
e a gramática, transmitíronnos dos grandes homes os seus
discursos e os títulos dos seus libros. É o mesmo Aristófanes
quen nos deu a ledicia de saber que era calvo, e se o nariz chato de
Sócrates non servise a comparacións literarias, se o seu
costume de andar cos pés descalzos non fixese parte do seu sistema
filosófico de desprezo polo corpo, só conservariamos del
os seus interrogatorios de moral. Os contos de Suetonio non son máis
que polémicas odiosas. O bo xenio de Plutarco fixo del ás
veces un artista; pero non soubo comprende-la esencia da súa
arte, xa que imaxinou ‘paralelos’ –¡coma se
dous homes propiamente descritos en tódolos seus detalles puidesen
parecerse!–. Estamos reducidos a consultar a Ateneo, Aulo Xelio,
os escoliastas e Dióxenes Laercio quen creu que compuxera unha
especie de historia da filosofía.
O sentimento do individual desenvolveuse máis nos tempos modernos.
A obra de Boswell sería perfecta se non tivese considerado necesario
citar nela a correspondencia de Johnson e digresións sobre os
seus libros. As Vidas de persoas eminentes de Aubrey proporcionan máis
satisfacción. Aubrey tivo, sen ningunha dúbida, o instinto
da biografía. ¡Que aburrido é que o estilo deste
autor non estea á altura da súa concepción! O seu
libro sería o recreo perpetuo dos espíritos avisados.
Aubrey nunca sentiu a necesidade de establecer unha relación
entre detalles individuais e ideas xerais. Chegáballe que outros
marcasen para a celebridade os homes polos que se interesaba. O máis
do tempo non se sabe se é que se trata dun matemático,
dun home de Estado, dun poeta ou dun reloxeiro. Pero cada un deles ten
o seu trazo único, que o diferencia para sempre entre os homes.
O pintor Hokusai esperaba acadar, cando tivese cento dez anos, o ideal
da súa arte. Neste momento, dicía, cada punto, cada liña
trazados polo seu pincel estarían vivos. Por vivos entendede
individuais. Nada máis semellante cós puntos e as liñas:
a xeometría fúndase sobre este postulado. A arte perfecta
de Hokusai esixía que nada fose máis diferente. Así,
o ideal do biógrafo sería diferenciar infinitamente o
aspecto de dous filósofos que inventaron máis ou menos
a mesma metafísica. Velaí por qué Aubrey, que se
vincula unicamente ós homes, non acada a perfección, xa
que non soubo culmina-la milagrosa transformación da similitude
na diversidade que esperaba Hokusai. Pero Aubrey non chegara á
idade de cento dez anos. É ben digno de estima sen embargo, e
dábase conta do alcance do seu libro. “Lémbrome”,
di, no seu limiar a Anthony Wood, “dun dito do xeneral Lambert
–that the best of men are but men at the best–, do que atoparedes
diversos exemplos nesta ruda e apresurada colección. Tamén
eses arcanos non deberán exporse á luz senón dentro
de aproximadamente trinta anos. É conveniente, en efecto, que
o autor e os personaxes (semellantes ás nésperas) podrezan
antes.”
Poderínase descubrir nos predecesores de Aubrey algúns
rudimentos da súa arte. Deste xeito, Dióxenes Laercio
apréndenos que Aristóteles levaba sobre o bandullo unha
bolsa de coiro chea de aceite quente e que atoparon na súa casa,
logo de morto, unha morea de vasos de terra. Non saberemos xamais o
que Aristóteles pensaba facer con todo ese material de alfar.
E o misterio é tan agradable coma as conxecturas ás que
nos abandona Boswell sobre o uso que facía Johnson das tonas
de laranxa secas que tiña o hábito de gardar nos petos.
Aquí, Dióxenes Laercio erguese case ata o sublime do inimitable
Boswell. Pero estes son raros praceres. Mentres que Aubrey nolos dá
case en cada liña. Milton, dinos, “pronunciaba a letra
R moi dura”. Spenser “era un home pequeno, levaba o pelo
curto, unha gorgueiriña, e uns pequenos puños de camisa”.
Barclay “vivía en Inglaterra en certa época tempore
R.Jacobi. Era entón un home vello, de barba branca, e levaba
un sombreiro de pluma, o que escandalizaba a algunhas persoas severas”.
A Erasmo “non lle gustaba o peixe, malia nacer nunha vila pesqueira”.
Para Bacon, “ningún dos seus servidores ousaba aparecer
diante del sen botas de coiro de España; pois axiña ulía
o cheiro do coiro de becerro, que o incomodaba”. O doutor Fuller
“afundíase tanto no traballo que, paseando e meditando
antes de cear, comía un pan de dous pesos sen decatarse”.
Sobre Sir William Davenant fai esta observación: “Estiven
no seu enterro, tiña un cadaleito de nogueira. Sir John Denham
dixo que era o cadaleito máis bonito que nunca vira.” A
propósito de Ben Johnson escribe: “Oínlle dicir
a M. Lacy, o actor, que tiña o costume de levar un abrigo semellante
ós abrigos dos cocheiros, con fendas baixo as axilas.”
Velaquí o que chama a atención de William Prynne: “O
seu xeito de traballar era así. Puña un longo gorro de
piqué que lle caía nos ollos polo menos dúas ou
tres polgadas e que lle servía de pantalla para protexe-los ollos
da luz, e cada tres horas aproximadamente, o seu servente tíñalle
que levar un pan e unha xerra de cervexa para refocilarlle os ánimos;
de xeito que traballaba, bebía e roía o seu pan, e isto
tíñao entretido ata a noite, na que facía unha
boa cea.” Hobbes “volveuse moi calvo na súa vellez;
nembargantes, na súa casa tiña o hábito de estudiar
coa testa descuberta e dicía que nunca o collía o frío
pero que o seu maior traballo era impedir que as moscas viñesen
pousarlle sobre a calva. Non nos di nada da Oceana de John Harrington
pero cóntanos que o autor “Anno Domini 1660, foi enviado
prisioneiro á Torre, onde o custodiaron, e despois a Portsley
Castle. A súa estadía nestas cadeas (sendo un cabaleiro
de alto espírito e de testa quente) foi a causa procatártica
do seu delirio ou da súa tolemia que non foi furiosa –xa
que conversaba bastante asisadamente e era de sociedade ben agradable;
pero deu na teima de que a súa suor convertíase en moscas
e ás veces en abellas, ad cetera sobrius; e fixo construír
unha caseta transformable con pranchas no xardín de M. Hart (fronte
a St James’s Park) para face-la proba. Virábaa cara ó
sol e sentaba cara a ela, despois facía trae-las súas
colas de raposo para espantar e masacrar tódalas moscas e abellas
que descubrisen nela; despois pechaba o artefacto. Pero só facía
esta experiencia na estación cálida, de xeito que algunhas
moscas disimulábanse nas fendas e nas pregas dos panos. Ó
cabo dun cuarto de hora quizais, a calor facía que saíse
do seu burato unha mosca, ou dúas, ou máis. Entón
el berraba: “¿Non vedes claramente que saen de min?”
Velaí o que nos di de Meriton. “O seu verdadeiro nome era
Head. M. Bovey coñecíao ben. Nado en... Era libreiro en
Little Britain. Estivera entre os bohemios. Tiña pinta de aleuto
cos seus ollos burlóns. Podía cambiarse en calquera forma.
Fixo bancarrota dúas ou tres veces. Foi á fin libreiro,
ou cara á fin. Gañaba a vida cos seus garabatos. Pagábanlle
vinte xilíns por folla. Escribiu varios libros: The English rogue,
The Art of Wheadling, etc. Afogou indo cara a Plymouth nun mar cheo
arredor de 1767, tiña uns 50 anos.”
Por último hai que cita-la súa biografía de Descartes:
Meur. RENATUS DES CARTES.
“Nobilis Gallus, Perroni Dominus, summus Mathematicus et
Philosophus, natus Turonum, pridie Calendas Apriles 1596. Denatus Holmiae,
Calendis Februarii, 1650. (Atopo esta inscrición baixo o seu
retrato por C.V. Dalen.) Cómo pasaba o tempo na súa mocidade
e por qué método se fixo tan sabio, cóntallo ó
mundo no seu tratado que leva por título De la méthode.
A Compañía de Xesús págase de que a orde
tivese a honra da súa educación. Viviu varios anos en
Egmont (cerca da Haia) onde datou varios dos seus libros. Era home demasiado
sabio para cargar cunha muller; pero, sendo home, tiña os desexos
e os apetitos dun home; mantiña pois unha fermosa moza de boa
condición que amaba, e da que tivo algúns fillos (creo
que dous ou tres). Sería ben sorprendente que nados dos riles
dun tal pai non recibisen unha boa educación. Era tan eminentemente
sabio que tódolos sabios o ían visitar e moitos deles
pedíanlle que lles amosase os seus... de instrumentos (nesa época
a ciencia matemática estaba fortemente vinculada ó coñecemento
dos instrumentos e, así o dicía Sr. H. S., á práctica
dos tornos). Entón el sacaba un caixonciño de baixo da
mesa e amosáballes un compás que tiña un dos brazos
roto; e ademais como regra utilizaba unha folla de papel dobrada en
dúas.”
É obvio que Aubrey tivo a conciencia perfecta do seu traballo.
Non creades que descoñecía o valor das ideas filosóficas
de Descartes ou de Hobbes. Non era iso o que lle interesaba. Dinos ben
claro que o mesmo Descartes expuxo o seu método ó mundo.
Non ignora que Harvey descubriu a circulación do sangue; pero
prefire anotar que ese grande home pasaba os seus insomnios a pasear
en camisa, que tiña mala escritura, e que os máis célebres
médicos de Londres non darían un peso por unha das súas
receitas. Está seguro de iluminarnos sobre Francis Bacon cando
nos explica que tiña o ollo vivo e delicado, cor abelá,
e semellante ó ollo dunha víbora. Pero non é un
artista tan grande coma Holbein. Non sabe fixar para a eternidade un
individuo polos seus trazos especiais sobre un fondo de semellanza co
ideal. Dálle vida a un ollo, ó nariz, á perna,
ó aceno dos seus modelos: non sabe anima-la figura. O vello Hokusai
vía ben que cumpría chegar a facer individual o que é
máis xeral. Aubrey non tivo a mesma penetración. Se o
libro de Boswell entrase en dez páxinas sería a obra de
arte esperada. O sentido común do doutor Johnson componse dos
lugares comúns máis vulgares; expresado coa violencia
estraña que Boswell soubo pintar, ten unha calidade única
neste mundo. Só que este catálogo pesado asemella ós
diccionarios mesmos do doutor; poderíase sacar unha Scientia
Johnsoniana, cun índice. Boswell non tivo a coraxe estética
de elixir.
A arte do biógrafo consiste xustamente na elección. Non
ten que preocuparse de ser verdadeiro; debe crear nun caos de trazos
humanos. Leibnitz di que para face-lo mundo, Deus escolleu o mellor
dos posibles. O biógrafo, coma unha divindade inferior, sabe
elixir entre os posibles humanos, o que é único. Non debe
enganarse sobre a arte máis do que Deus se enganou sobre a bondade.
É necesario que o instinto dos dous sexa infalible. Pacientes
demiúrgos reuniron para o biógrafo ideas, movementos de
fisionomía, acontecementos. A obra deles atópase nas crónicas,
nas memorias, nas correspondencias e nas escolmas. No medio desta basta
reunión, o biógrafo criba de qué compoñer
unha forma que non se pareza a ningunha outra. Non é útil
que sexa semellante á que foi creada noutro tempo por un deus
superior, con tal de que sexa única, coma toda outra creación.
Por desgracia, os biógrafos creron de ordinario que eran historiadores.
E deste xeito priváronnos de retratos admirables. Supuxeron que
só a vida dos grandes homes podía interesarnos. A arte
é allea a estas consideracións. Ós ollos do pintor
o retrato dun home descoñecido de Cranach ten tanto valor coma
o retrato de Erasmo. Non é polo nome de Erasmo polo que ese cadro
é inimitable. A arte do biógrafo sería a de darlle
o mesmo prezo á vida dun pobre actor que á vida de Shakespeare.
É un instinto baixo o que nos fai notar con pracer o acurtamento
do esternocleidomastoideo no busto de Alexandre, ou a guedella na fronte
do retrato de Napoleón. O sorriso de Monna Lisa, do que non sabemos
nada (pode se-la cara dun home) é máis misterioso. Un
aceno debuxado por Hokusai leva a meditacións máis profundas.
Se se intentase a arte na que sobresaíron Boswell e Aubrey, sen
dúbida non cumpriría describir minuciosamente o home máis
grande do seu tempo, ou anota-la característica dos máis
célebres no pasado, senón contar coa mesma preocupación
as existencias únicas dos homes, fosen divinos, mediocres ou
criminais.
EMPÉDOCLES
Deus suposto
Ninguén sabe cál foi o seu nacemento, nin cómo
chegou á terra. Apareceu preto das ribeiras douradas do río
Acragas, na fermosa cidade de Agrixento, un pouco despois do tempo no
que Xerxes mandou golpea-lo mar con cadeas. A tradición só
conta que o seu avó chamábase Empédocles: ninguén
o coñeceu. Sen dúbida, hai que entender isto como que
era fillo del mesmo, como convén a un Deus. Pero os seus discípulos
aseguran que antes de percorrer na súa gloria os campos de Sicilia
xa pasara catro existencias no noso mundo, e que fora planta, peixe,
paxaro e moza. Portaba un manto de púrpura sobre o que recaían
os seus longos cabelos; tiña arredor da testa unha banda de ouro,
nos pés sandalias de bronce, e levaba grilandas trenzadas con
la e loureiro.
Pola imposición das mans curaba ós enfermos e recitaba
versos, ó xeito homérico, con acentos pomposos, subido
nun carro, coa testa ergueita cara ó ceo. Unha morea de xente
seguíao e prosternábase diante del para escoita-los seus
poemas. Baixo o ceo puro que alumea os trigos, os homes viñan
de todas partes cara a Empédocles cos brazos cargados de ofrendas.
Tíñaos pasmados cantándolle-la bóveda divina,
feita de cristal, a masa de lume que chamamos sol e o amor, que contén
todo, semellante a unha vasta esfera.
Tódolos seres, dicía, non son senón anacos desunidos
desa esfera de amor na que se insinuou o odio. E o que chamamos amor
é o desexo de unirnos, e fundirnos, e confundirnos, tal como
eramos antes, no seo do deus globular que a discordia rompeu. Invocaba
o día no que a esfera divina incharía, tras tódalas
transformacións das ánimas. Porque o mundo que coñecemos
é obra do odio, e a súa disolución será
obra do amor. Así cantaba polas vilas e polos campos; e as súas
sandalias de bronce que viñeran de Laconia repenicábanlle
nos pés, e diante del soaban címbalos. Mentres tanto da
boca do Etna abrollaba unha columna de fume negro que asombraba a Sicilia.
Semellante a un rei do ceo, Empédocles estaba envolto na púrpura
e cinguido de ouro, mentres que os pitagóricos andaban a rastro
coas súas cativas túnicas de liño, e o calzado
feito de papiro. Disque sabía facer desaparece-las lagañas,
disolve-los tumores e saca-la dor dos membros; suplicábanlle
que fixese cesa-la chuvia ou os furacáns; conxurou as tempestades
sobre un círculo de cotarelos; en Selinonte expulsou a febre
facendo verter dous ríos no álveo dun terceiro, e os habitantes
de Selinonte adorárono e eleváronlle un templo e bateron
medallas nas que a súa imaxe estaba situada en fronte da imaxe
de Apolo.
Outros pretenden que foi adiviño e que o instruíran os
magos de Persia, que posuía a nigromancia e a ciencia das herbas
que fan tolear. Un día, cando ceaba con Anquitos, un home furioso
fíxose camiño na sala coa espada levantada. Empédocles
ergueuse, tendeu o brazo e cantou os versos de Homero sobre o nepentes
que dá a insensibilidade. E de contado a forza do nepentes colleu
ó arroutado e ficou fixo, coa espada no aire. Esquecera todo,
coma se bebese o doce veleno mesturado no viño espumoso dunha
cratera. Os doentes viñan a el nas aforas das cidades e estaba
rodeado dunha morea de miserentos. Incorporáronse ó seu
séquito mulleres. Bicaban os faldróns do seu manto precioso.
Unha chamábase Pantea, filla dun nobre de Agrixento. Debía
ser consagrada a Artemisa, pero escapou lonxe da fría estatua
da deusa e deulle a súa virxindade en voto a Empédocles.
Ninguén viu as marcas do seu amor, pois Empédocles preservaba
unha insensibilidade divina. Só profería palabras no metro
épico e en dialecto de Xonia, aínda que o pobo e os seus
fieis só se serviran do dorio. Tódolos seus xestos eran
sagrados. Cando se aproximaba ós homes era para bendicilos ou
curalos. O mais do tempo permanecía en silencio. Ningún
dos que o seguían puido nunca sorprendelo durante o sono. Só
o viron maxestoso.
Pantea estaba vestida de fina la e de ouro. Os seus cabelos estaban
dispostos á rica moda de Agrixento, onde a vida fluía
suavemente. Un estrobo vermello sostiña os seus seos e a sola
das súas sandalias estaba perfumada. Polo demais, era fermosa
e de corpo lanzal e de cor moi desexable. Era imposible asegurar que
Empédocles a amase, mais tivo piedade dela. En efecto, o vento
asiático xerou a peste nos campos sicilianos. Moitos homes foron
tocados polos dedos negros da praga. Mesmo os cadáveres das bestas
alfombraban os bordos dos prados e víanse por alá e por
acolá ovellas peladas, mortas cos fociños abertos cara
ó ceo, e as costelas saíntes. E Pantea languideceu desta
enfermidade. Caeu ós pes de Empédocles e xa non respiraba.
Os que a rodeaban ergueron os seus membros tesos e bañáronos
con viño e aromas. Desligaron o estrobo vermello que apertaba
os seus mozos seos e envolvérona en vendas. E a súa boca
entreaberta estaba retida por unha ligadura e os seus ollos ocos xa
non deixaban pasa-la luz.
Empédocles mirouna, sacou o círculo de ouro que lle cinguía
o fronte e impúxollo. Púxolle sobre os seos a grilanda
de loureiro profético, cantou versos descoñecidos sobre
a migración das ánimas e ordenoulle tres veces que se
levantase e camiñase. A multitude estaba aterrorizada. Á
terceira chamada, Pantea saíu do reino das sombras e o seu corpo
animouse e ergueuse sobre os pés, todo enfaixado nas vendas funerarias,
E o pobo viu que Empédocles era evocador de mortos.
Pysianacte, pai de Pantea, veu adorar ó novo deus. Estenderon
mesas baixo as árbores do seu campo para ofrecerlle libacións.
A carón de Empédocles, escravos sostiñan grandes
fachóns. Os heraldos proclamaron, coma nos misterios, o silencio
solemne. De súpeto, na terceira vela, os fachóns apagáronse
e a noite envolveu os adoradores. Houbo unha voz forte que chamou: “¡Empédocles!”.
Cando apareceu a luz, Empédocles desaparecera. Os homes non o
volveron ver.
Un escravo, espavorecido, contou que vira un raio vermello que sucaba
as tebras cara á cima do Etna. Os fieis ascenderon as pendentes
estériles da montaña á luz morna da alba. O cráter
do volcán vomitaba un feixe de chamas. Sobre o peitoril poroso
de lava que cerca o abismo ardente atoparon unha sandalia de bronce
traballada polo lume.
ERÓSTRATO
Incendiario
A vila de Efeso, onde naceu Eróstrato, estendíase pola
embocadura do Caistro, cos seus dous portos fluviais, deica os peiraos
de Panormo, dende onde se vía sobre o mar profundamente tinxido
a liña brumosa de Samos. Rebordaba de ouro e de tecidos, de las
e de rosas dende que venceran ós Magnesios, ós seus cans
de guerra e ós seus escravos que lanzaban a xavelina nas beiras
do Meandro, dende que os persas arruinaran a magnífica Mileto.
Era unha cidade mol, onde se festexaba ás cortesás no
templo de Afrodita Hetera. Os efesios levaban túnicas amórxinas,
transparentes, vestidos de cor violeta, púrpura e azafrán
feitos de liño fiado na roca, sarápides cor mazá
amarela e brancas e rosas, tecidos de Exipto cor xacinto, que tiñan
o flamexar do lume e os matices móbiles do mar, e calasiris de
Persia, de tecido pechado, lixeiro, salpicadas no seu fondo escarlata
de grans de ouro con forma de copelas.
Entre a montaña de Prión e un alto acantilado escarpado
advertíase sobre a beira do Caistro o gran templo de Artemisa.
Fixeran falta cento vinte anos para construílo. Pinturas ríxidas
adornaban as súas estancias interiores, que tiñan o teito
de ébano e de ciprés. As pesadas columnas que o sostiñan
foran untadas de minio. A sala da deusa era pequena e oval. No medio
erguíase unha pedra negra prodixiosa, cónica e brillante,
marcada por dourados lunares, que non era outra que Artemisa. O altar
triangular estaba tallado tamén nunha pedra negra. Outras mesas,
feitas de lousas negras, estaban furadas por buratos regulares para
deixaren cae-lo sangue das víctimas. Das paredes penduraban longas
follas de aceiro, con mangos de ouro, que servían para abri-las
gorxas, e o chan puído estaba alfombrado de vendas sanguentas.
A gran pedra avesía tiña dúas tetas duras e apuntadas.
Tal era a Artemisa de Efeso. A súa divindade perdíase
na noite das tumbas exipcias, e cumpría adorala conforme ós
ritos persas. Posuía un tesouro pechado nunha especie de colmea
pintada de verde, coa porta piramidal espiñada de cravos de bronce.
Alí, entre os aneis, as grandes moedas e os rubís, xacía
o manuscrito de Heráclito, que proclamara o reino do lume. O
filósofo depositárao alí el mesmo na base da pirámide,
cando a construían.
A nai de Eróstrato era violenta e orgullosa. Nunca se soubo quén
foi o seu pai. Eróstrato declarou máis tarde que era fillo
do lume. Tiña o corpo marcado, baixo o seo dereito, cun crecente
que pareceu inflamarse cando o torturaron. As que asistiron ó
seu nacemento predixeron que estaba suxeito a Artemisa. Foi colérico
e permaneceu virxe. O seu rostro estaba corroído por liñas
escuras e a cor da súa pel era moura. Dende a súa infancia
gustoulle estar baixo do alto acantilado, preto do Artemision. Miraba
pasa-las procesións de ofrendas. Por causa da ignorancia na que
estaban sobre a súa raza non puido facerse sacerdote da deusa
da que se cría devoto. O colexio sacerdotal tivo que prohibirlle
varias veces a entrada no naos, onde esperaba afasta-lo tecido precioso
e pesado que velaba a Artemisa. Colleu xenreira por iso e xurou viola-lo
segredo.
O nome de Eróstrato parecíalle incomparable con calquera
outro así como a súa persoa lle parecía superior
a toda a humanidade. Desexaba a gloria. Primeiro uniuse ós filósofos
que ensinaban a doutrina de Heráclito: pero non coñecían
nada da parte secreta, xa que estaba pecha na cela piramidal do tesouro
de Artemisa. Eróstrato conxecturou só a opinión
do mestre. Endureceuse no desprezo das riquezas que o rodeaban. O seu
noxo polo amor das cortesás era extremo. Creron que reservaba
a súa virxindade para a deusa. Pero Artemisa non tivo ningunha
piedade del. Pareceulle perigoso ó colexio da Xerusia, que vixiaba
o templo. O sátrapa permitiu que o exiliasen nos suburbios. Viviu
no flanco do Coresos, nun panteón furado polos vellos. Dende
alí axexaba pola noite as lámpadas sagradas do Artemision.
Algúns supoñen que persas iniciados viñeron entrevistarse
alí con el. Pero é máis probable que o seu destino
se lle revelase dun golpe.
En efecto, confesou na tortura que comprendera de súpeto o sentido
da palabra de Heráclito, o camiño do alto, e por qué
o filósofo ensinara que a mellor alma é a máis
seca e a máis inflamada. Atestou que a súa alma, neste
senso, era a máis perfecta, e que quixera proclamalo. Non deu
máis causa á súa acción que a paixón
da gloria e a ledicia de escoitar proferi-lo seu nome. Dixo que só
o seu reino tería sido absoluto, xa que non lle coñecían
pai e que a Eróstrato habíao cororar Eróstrato,
que era fillo da súa obra e que a súa obra era a esencia
do mundo: que así el tería sido xuntamente rei, filósofo,
e deus, único entre os homes.
O ano 356, na noite do 21 de xullo, cando a lúa non subira ó
ceo e o desexo de Eróstrato adquirira unha forza inusitada, resolveu
viola-la estancia secreta de Artemisa. Esvarou, pois, polos camiños
serpeantes da montaña ata a ribeira do Caistro e subiu os chanzos
do templo. Os gardas dos sacerdotes durmían ó lado das
lámpadas santas. Eróstrato colleu unha delas e entrou
no naos.
Alí exhalábase un forte cheiro a aceite de nardos. As
arestas negras do teito de ébano refulxían. O óvalo
da estancia estaba dividido pola cortina tecida con fío de ouro
e de púrpura que ocultaba a deusa. Eróstrato, bafexando
de voluptuosidade, arrancou esta. A lámpada iluminou o cono terrible
coas tetas dereitas. Eróstrato colleunas coas dúas mans
e bicou avidamente a pedra divina. Despois rodeouna e descubriu a pirámide
verde na que estaba o tesouro. Colleu os cravos de bronce da portiña
e rompeu o selo. Afundiu os dedos nas xoias virxes. Pero non colleu
máis que o rolo de papiro no que Heráclito inscribira
os seus versos. Á luz da lámpada sagrada leunos e coñeceu
todo.
Inmediatamente berrou: “¡O lume, o lume!”
Tirou da cortina de Artemisa e achegou a mecha acesa ó faldrón
inferior. O tecido ardeu primeiro lentamente; despois, a causa dos vapores
do aceite perfumado dos que estaba impregnada, a chama subiu, azulada,
cara ós artesoados de ébano. O terrible cono reflectiu
o incendio.
O lume enrodelouse nos capiteis das columnas, rampante ó longo
das bóvedas. Unha a unha, as placas de ouro dadas en voto á
poderosa Artemisa caeron das suspensións sobre as lousas cun
resoar de metal. Despois o chorro fulgurante estalou sobre o teito e
iluminou o acantilado. As tellas de bronce esboroáronse. Eróstrato
erguíase no resplandor, clamando o seu nome por entre a noite.
Todo o Artemision foi un montón vermello no centro das tebras.
Os gardas colleron ó criminal.
Amordazárono para que parase de berra-lo seu propio nome. Guindárono
nos sotos, atado, durante o incendio.
Ataxerxes, no mesmo momento, enviou orde de torturalo. Só quixo
dici-lo que queda dito. As doce cidades de Xonia prohibiron, baixo pena
de morte, pasa-lo nome de Eróstrato ás idades futuras.
Pero o murmurio fíxoo vir ata nós. A noite na que Eróstrato
abrasou o templo de Efeso, veu ó mundo Alexandre, rei de Macedonia.
CRATES
Cínico
Naceu en Tebas, foi discípulo de Dióxenes e coñeceu
tamén a Alexandre. O seu pai, Ascondas, era rico e deixoulle
douscentos talentos. Un día que fora ver unha traxedia de Eurípides
sentiuse inspirado coa aparición de Telefo, rei de Misia, vestido
cuns farrapos de mendigo e levando un cesto na man.
Levantouse no teatro e anunciou con voz forte que distribuiría
a quen quixese os douscentos talentos da súa herdanza, e que
de alí en adiante habíanlle chega-los vestidos de Telefo.
Os tebanos botaron a rir e amontoáronse diante da súa
casa, pero el ría máis ca eles. Tiróulle-lo diñeiro
e mailos mobles polas fiestras, colleu un manto de tea e unhas alforxas,
despois foise.
Chegado a Atenas, errou polas rúas, apoiando as costas contra
as murallas, entre os excrementos. Puxo en práctica todo o que
aconsellaba Dióxenes. O seu barril pareceulle superfluo. Na opinión
de Crates, o home non era un caracol nin un cangrexo ermitán.
Quedou espido de todo no lixo e recolleu as codias do pan, as olivas
podres e as espiñas de peixe seco para enche-las súas
alforxas. Dicía que estas alforxas era unha vila grande e opulenta
onde non se atopaban nin parasitos nin cortesás, e que producía
para o seu rei suficiente tomiño, allo, figos e pan. Deste xeito
Crates levaba a súa patria sobre as costas e alimentábase
dela.
Non se metía nos asuntos públicos, nin sequera para facerlles
burla, e non afectaba insulta-los reis. Non aprobaba en absoluto ese
xesto de Dióxenes que, berrando un día: “¡Homes,
achegádevos!”, golpeou coa vara ós que viñeran
e díxolles: “Chamei por homes, non por excrementos.”
Crates foi doce cos homes. Non se preocupaba por nada. As chagas éranlle
familiares. A súa gran mágoa era non te-lo corpo flexible
dabondo para chegar a lambelas, como fan os cans. Deploraba tamén
a necesidade de ter que valerse de alimentos sólidos e beber
auga. Pensaba que o home debe bastarse a si mesmo, sen ningunha axuda
exterior. Polo menos, non ía buscar auga para lavarse. Contentábase
con frega-lo corpo contra as murallas se a roña o incomodaba,
xa que se reparara en que os burros non fan doutro xeito. Falaba raramente
dos deuses, e non se preocupaba por eles: pouco se lle daba que houbese
ou non houbese, sabía ben que non lle podían facer nada.
Por outra banda, reprocháballes teren feito desgraciados ós
homes a posta, facéndolles vira-la cara ó ceo e privándoos
da facultade que teñen a maioría dos animais que camiñan
a catro patas. Xa que os deuses decidiron que hai que comer para vivir,
pensaba Crates, debían vira-lo rostro dos homes cara á
terra, onde crecen as raíces: ninguén se pode repoñer
con aire ou con estrelas.
A vida non lle foi nada xenerosa. Tivo lagañas a forza de expo-los
ollos ó acre po da Ática. Unha enfermidade de pel descoñecida
cubriuno de tumores. Rañouse coas unllas que non roía
nunca e observou que lles sacaba dobre proveito, xa que as usaba ó
mesmo tempo que sentía alivio. Os seus longos cabelos fixéronse
semellantes a feltro espeso, e dispúxoos sobre a testa para protexerse
da chuvia e do sol.
Cando Alexandre o veu ver non lle dirixiu verbas de retranca, senón
que o considerou entre os outros espectadores sen facer ningunha diferencia
entre o rei e a multitude. Crates non tiña ningunha opinión
sobre os grandes. Importábanlle tan pouco coma os deuses. Só
os homes o ocupaban, e o xeito de pasa-la existencia coa maior simplicidade
posible. As censuras de Dióxenes facíano rir, non menos
cás súas pretensións de reforma-los costumes. Crates
estimábase infinitamente por riba de preocupacións tan
vulgares. Transformaba a máxima inscrita no frontón do
templo de Delfos e dicía: “Vívete a ti mesmo.”
A idea dun coñecemento calquera parecíalle absurda. Só
estudiaba as relacións do corpo co que lle é necesario,
intentando reducilas tanto como fose posible. Dióxenes trababa
coma os cans, mais Crates vivía coma os cans.
Tivo un discípulo que tiña por nome Metroclo. Era un mozo
rico de Maronea. A súa irmá Hiparquia, fermosa e nobre,
namorouse de Crates. Consta que se namorou del e que veu buscalo. A
cousa parece imposible, pero é segura. Nada a botou para atrás,
nin a sucidade do cínico, nin a súa pobreza absoluta,
nin o horror da súa vida pública. El previuna que vivía
ó xeito dos cans, por entre as rúas, e que buscaba os
ósos nos montóns de lixo. Advertiulle que non ocultarían
nada da súa vida en común e que a posuiría publicamente
cando lle viñese a gana, como os cans fan coas cadelas. Hiparquia
esperaba todo iso. Os seus pais intentaron retela: ameazounos con matarse.
Tiveron piedade dela. Entón ela deixou o burgo de Maronea, totalmente
espida, cos cabelos pendurando, cuberta só cunha vella tea, e
viviu con Crates, vestida de xeito semellante a el. Dise que tivo dela
un neno, Pasicle: mais non hai nada seguro sobre este punto.
Esta Hiparquia foi, disque, boa cos pobres, e compasiva; aloumiñaba
os doentes coas mans; lambía sen ningún noxo as feridas
sanguentas dos que sufrían, persuadida de que eles eran para
ela o que as ovellas son para as ovellas, o que os cans son para os
cans. Se ía frío, Crates e Hiparquia durmían apertados
contra os pobres, e intentaban darlles parte na calor dos seus corpos.
Prestábanlles a axuda muda que os animais se prestan uns ós
outros. Non tiñan ningunha preferencia por algún dos que
se achegaban a eles. Chegáballes que fosen homes.
Velaí todo o que nos chegou sobre a muller de Crates; non sabemos
cándo morreu, nin cómo. O seu irmán Metroclo admiraba
a Crates e imitouno. Mais non tiña ningunha tranquilidade. A
súa saúde estaba turbada por continuas flatulencias que
non podía reter. Desesperouse e decidiu morrer. Crates coñeceu
a súa desgracia e quixo consolalo. Comeu unha presa de chícharos
bravos e foi ver a Metroclo. Preguntoulle se era a vergoña da
súa enfermidade a que o aflixía ata ese punto. Metroclo
confesou que non podía soportar aquela desgracia. Entón
Crates, todo inchado de chícharos bravos, largou ventosidades
en presencia do seu discípulo, e afirmoulle que a natureza sometía
a tódolos homes ó mesmo mal. E acto seguido reprochoulle
que tivese vergoña dos outros e propúxolle o seu propio
exemplo. Despois largou aínda algunhas ventosidades máis,
colleu a Metroclo pola man e levouno con el.
Ámbolos dous permaneceron moito tempo xuntos polas rúas
de Atenas, sen dúbida con Hiparquia. Falábanse ben pouco.
Non tiñan vergoña de nada. Malia fozar nos mesmos montóns
de lixo, os cans parecían respectalos. Pódese pensar que,
se a fame os apertase, terían pelexado uns contra os outros ás
trabadas. Mais os biógrafos non relataron nada deste xénero.
Sabemos que Crates morreu vello; que acabou por ficar arreo no mesmo
sitio, deitado baixo o beiral dun almacén do Pireo, onde os mariñeiros
gardaban os fardos do porto; que deixou de vagar para atopar viandas
que roer, non quixo nin sequera estende-lo brazo, e que o atoparon un
día reseco pola fame.
SÉTIMA
Encantadora
Sétima foi escrava baixo o sol africano, na vila de Hadrumeto.
E a súa nai Amoena foi escrava, e a nai dela foi escrava, e todas
foron fermosas e escuras, e os deuses infernais reveláronlles
filtros de amor e de morte. A vila de Hadrumeto era branca e as pedras
da casa onde vivía Sétima eran dun rosa tremente. E a
area da praia estaba sementada de cunchas que fai roda-lo mar morno
dende a terra de Exipto, no lugar onde as sete bocas do Nilo deitan
sete vasos de distintas cores. Na casa á beira do mar onde vivía
Sétima oíase morrer a franxa de prata do Mediterráneo,
e, ós seus pés, un abano de refulxentes liñas azuis
despregábase ata o ras do ceo. As palmas das mans de Sétima
estaban arrubiadas de ouro, e os extremos dos seus dedos estaban enfeitados;
os seus beizos recendían a mirra e as súas pálpebras
unxidas arreguizaban docemente. Deste xeito andaba ela polo camiño
dos arrabaldes, levando á casa dos servidores un cesto de pans
flexibles.
Sétima namorouse dun mozo libre, Sextilio, fillo de Dionisia.
Mais non lles está permitido ser amadas ás que coñecen
os misterios subterráneos: pois elas están sometidas ó
adversario do amor, que se chama Anteros. E así como Eros dirixe
os escintileos dos ollos e afía as puntas das frechas, Anteros
desvía as miradas e atorda a acritude dos dardos. É un
deus benfeitor que para no medio dos mortos. Non é cruel, coma
o outro. Posúe o nepentes que dá o esquecemento. E sabendo
que o amor é a peor das dores terrestres, odia e cura o amor.
Sen embargo non pode botar a Eros dun corazón ocupado. Entón
toma o outro corazón. Deste xeito, Anteros loita contra Eros.
Velaí porqué Sextilio non puido amar a Sétima.
Tan pronto como Eros levou o seu fachón ó seo da iniciada,
Anteros, irritado, fíxose co que ela quería amar.
Sétima coñeceu a potencia de Anteros nos ollos baixos
de Sextilio. E cando o tremor púrpura prendeu o aire do serán,
saíu ó camiño que vai de Hadrumeto ata o mar. É
un camiño calmo onde os namorados beben viño de dátiles,
apoiados contra as murallas pulidas das tumbas. A brisa oriental sopra
o seu perfume sobre a necrópole. A lúa moza, aínda
velada, vén vagar por aló, insegura. Moitos mortos embalsamados
dominan os arredores de Hadrumeto nas súas sepulturas. E alí
durmía Foinisa, irmá de Sétima, escrava coma ela,
e que morreu ós dezaseis anos, antes de que ningún home
respirase o seu olor. A tumba de Foinisa era estreita coma o seu corpo.
A pedra apertaba os seus seos tensados de vendas. Moi preto da súa
fronte baixo unha longa lousa detiña a súa mirada baleira.
Dos seus beizos negrexados collía voo aínda o vapor dos
aromas nos que a inmerxeran. Sobre a súa man sabia brillaba un
anel de ouro verde con dous rubís pálidos e turbulentos
incrustados. Ela soñaba eternamente no seu soño estéril
coas cousas que nunca coñecera.
Baixo a brancura virxe da lúa nova, Sétima deitouse preto
da tumba estreita da súa irmá, contra a boa terra. Chorou
e fregou o rostro contra a grilanda esculpida. E achegou a súa
boca ó conducto polo que se botan as libacións, e a súa
paixón exhalouse:
—Oh miña irmá –dixo ela–, afasta do
teu sono para escoitarme. A lampadiña que alumea as primeiras
horas dos mortos apagouse. Deixaches esvarar dos teus dedos a ampola
coloreada de vidro que che deramos. O fío da túa colar
crebou e os grans de ouro están espallados arredor do teu pescozo.
Xa nada de nós é teu, e agora o que ten un gabián
sobre a testa posúete. Escóitame, pois te-lo poder de
transporta-las miñas verbas. Vai á celiña que ti
sabes e suplícalle a Anteros. Suplícalle á deusa
Hator. Suplícalle a aquel ó que o mar lle levou nun cofre
o seu cadáver despezado ata Biblos. Miña irmá,
ten piedade dunha dor descoñecida. Polas sete estrelas dos magos
de Caldea, conxúrote. Polos poderes infernais que se invocan
en Cartago, Iao, Abriao, Salbaal, Bathbaal, recibe o meu feitizo. Fai
que Sextilio, fillo de Dionisia, se consuma de amor por min, Sétima,
filla da nosa nai Amoena. Que arda na noite, que me busque preto da
túa tumba, ¡oh Foinisa! Ou lévanos ós dous
á morada tenebrosa, poderosa. Prégalle a Anteros que arrefríe
os nosos alentos se rexeita alumealos Eros. Morte perfumada, acolle
a libación da miña voz. ¡Akhrammakhalala!.
Axiña, a virxe enfaixada ergueuse e penetrou baixo a terra, cos
dentes descubertos.
E Sétima, vergoñenta, correu por entre os sarcófagos.
Ata a segunda vixilia quedou na compaña dos mortos. Axexou a
lúa fuxitiva. Ofreceulle a súa gorxa á mordedura
salgada do vento mariño. Os primeiros dourados do día
aloumiñárona. Despois entrou en Hadrumeto e a súa
longa camisa azul flotaba tras dela.
Mentres tanto Foinisa, ríxida, erraba polos circuítos
infernais. E o que ten un gabián sobre a testa non lle deu escoita
á súa queixa. E a deusa Hator permaneceu deitada na súa
funda pintada. E Foinisa non puido atopar a Anteros, pois non coñecía
o desexo. Mais no seu corazón murcho experimentou a piedade que
os mortos teñen polos vivos. Entón, a segunda noite, á
hora na que os cadáveres quedan ceibos para levaren a cabo os
encantamentos, moveu os seus pés amarrados polas rúas
de Hadrumeto.
Sextilio tremía regularmente polos suspiros do soño, coa
cara volta cara ó teito da súa estancia, sucada de rombos.
E Foinisa, morta, envolta en vendas recendentes, sentou ó seu
carón. E non tiña nin cerebro nin vísceras; pero
colocáranlle o seu corazón reseco no peito. E nese momento
Eros loitou contra Anteros, e fíxose co corazón embalsamado
de Foinisa. Axiña desexou o corpo de Sextilio, para que deitase
entre ela e a súa irmá Sétima na casa das tebras.
Foinisa puxo os seus beizos tinxidos sobre a boca viva de Sextilio,
e a vida escapou del coma unha burbulla. Despois chegou á celiña
de escrava de Sétima e colleuna pola man. E Sétima, durmida,
cedeu baixo a man da súa irmá. E o bico de Foinisa e a
aperta de Foinisa fixeron morrer, case á mesma hora da noite,
a Sétima e a Sextilio. Tal foi o desenlace fúnebre da
loita de Eros contra Anteros; e as potencias infernais recibiron á
vez unha escrava e un home libre.
Sextilio está deitado na necrópole de Hadrumeto, entre
a encantadora Sétima e a súa irmá virxe Foinisa.
O texto do encantamento está inscrito sobre a placa de chumbo,
enrolada e furada por un cravo, que a encantadora fixo esvarar polo
conducto das libacións da tumba da súa irmá.
LUCRECIO
Poeta
Lucrecio apareceu nunha gran familia que se retirara lonxe da vida civil.
Os seus primeiros días recibiron a sombra do soportal negro dunha
gran casa ergueita na montaña. O atrio era severo e os escravos
mudos. Rodeárono, dende a infancia, o desprezo da política
e dos homes. O nobre Memmio, que tiña a súa idade, aturou,
na fraga, os xogos que Lucrecio lle impuña. Xuntos pasmaron diante
das engurras das vellas árbores e espiaron o tremor das follas
baixo o sol, coma un velo verde de luz salpicado de manchas de ouro.
Quedaron fitando decote os lombos raiados dos porcos bravos que fozaban
no chan. Atravesaron fusadas tremelucentes de abellas e bandas móbiles
de formigas en marcha. E un día chegaron, saíndo dun pequeno
bosque, a un clareiro todo rodeado de carballos vellos, asentados tan
xuntos que o seu círculo furaba no ceo un pozo de azul. O acougo
deste asilo era infinito. Parecía coma estar nun longo camiño
claro que ía cara ó alto do aire divino. Lucrecio recibiu
alí a bendición dos espacios calmos.
El e mais Memmio deixaron o templo sereno da fraga para estudia-la elocuencia
en Roma. O vello cabaleiro que gobernaba a alta casa deulle un profesor
grego e resolveu que non volvese ata que posuíse a arte de despreza-las
accións humanas. Lucrecio non o volveu ver. Morreu solitario,
execrando o tumulto da sociedade. Cando Lucrecio volveu, levaba á
alta casa baleira, cara ó atrio severo e entre os escravos mudos,
unha muller africana, fermosa, bárbara e mala. Memmio volvera
á casa dos seus pais. Lucrecio vira as faccións sanguentas,
as guerras de partidos e a corrupción política. Estaba
namorado.
E ó primeiro a súa vida foi meiga. Contra as colgaduras
dos muros, a muller africana apoiaba as masas contornadas do seu cabelo.
Todo o seu corpo esposaba longamente os leitos de descanso. Rodeaba
as cráteras cheas de viño espumoso cos seus brazos cargados
de esmeraldas translúcidas. Tiña un xeito estraño
de erguer un dedo e sacudi-la fronte. Os seus sorrisos tiñan
unha fonte fonda e tenebrosa coma os ríos de África. En
vez de fia-la la, desfacíaa pacientemente en folerpas que voaban
arredor dela.
Lucrecio desexaba ardentemente fundirse con ese fermoso corpo. Apertaba
os seus seos metálicos e amarraba a boca sobre os seus beizos
dun violeta escuro. As verbas de amor pasaron de un ó outro,
saloucáronas, fixéronos rir e consumíronse. Tocaron
o veo flexible e opaco que separa ós amantes. A súa voluptuosidade
tivo máis furor e desexou cambiar de persoa. Chegou ata o extremo
agudo no que se expande arredor da carne, sen penetrar ata as entrañas.
A africana encrequenouse no seu corazón estranxeiro. Lucrecio
desesperou por non poder consuma-lo seu amor. A muller fíxose
altiva, morna e silenciosa, parella ó atrio e ós escravos.
Lucrecio errou pola sala dos libros.
Alí foi onde despregou o rolo no que un escriba copiara o tratado
de Epicuro.
Axiña comprendeu a variedade das cousas deste mundo, e a inutilidade
de esforzarse cara ás ideas. O universo pareceulle semellante
ás folerpiñas de la que os dedos da africana espallaban
polas salas. Os acios de abellas e as columnas de formigas e o tecido
en movemento das follas foron para el agrupacións de agrupacións
de átomos. E en todo o seu corpo sentiu un pobo insensible e
discorde, ávido de separarse. E as miradas parecéronlle
raios máis sutilmente encarnados, e a imaxe da fermosa bárbara,
un mosaico agradable e coloreado, e experimentou que a fin do movemento
desta infinidade era triste e van. Así como as faccións
ensanguentadas de Roma, coas súas tropas de clientes armados
e insultadores, contemplou o remuíño de tropas de átomos
tinxidos do mesmo sangue e que disputan unha escura supremacía.
E viu que a disolución da morte non era senón franquear
esa turba turbulenta que se encamiña cara a outros mil movementos
inútiles.
Entón, cando Lucrecio foi instruído así polo rolo
de papiro, no que as verbas gregas coma os átomos do mundo estaban
tecidos uns nos outros, saíu á fraga polos soportais negros
da alta casa dos maiores. E viu o lombo dos porcos raiados que tiñan
sempre o fociño dirixido cara á terra. Despois, atravesando
a fraguiña, atopouse de súpeto no medio do templo sereno
da fraga, e os seus ollos afundíronse no pozo azul do ceo. Alí
situou o seu acougo.
Dende alí contemplou a inmensidade formigante do universo; tódalas
pedras, tódalas plantas, tódalas árbores, tódolos
animais, tódolos homes, coas súas cores, coas súas
paixóns, cos seus instrumentos, e a historia destas cousas diversas,
e o seu nacemento, e as súas enfermidades, e a súa morte.
E entre a morte total e necesaria, viu claramente a morte única
da africana, e chorou.
Sabía que os choros veñen dun movemento particular das
pequenas glándulas que están baixo as pálpebras,
e que son axitadas por unha procesión de átomos saída
do corazón, cando o corazón, á súa vez,
foi batido pola sucesión de imaxes coloreadas que se separan
da superficie do corpo dunha muller amada. Sabía que a causa
do amor non é outra que a inchazón dos átomos que
desexan unirse a outros átomos. Sabía que a tristura causada
pola morte non é senón a peor das ilusións terrestres,
xa que a morta deixara de ser desgraciada e de sufrir, mentres que o
que a choraba aflixíase dos seus propios males e soñaba
tenebrosamente coa súa propia morte. Sabía que non queda
de nós ningún dobre simulacro para verter bágoas
sobre o propio cadáver deitado ós nosos pés. Mais,
coñecendo exactamente a tristura e o amor e a morte, e que son
imaxes vans cando se contemplan dende o espacio calmo onde hai que pecharse,
seguiu chorando, e desexando o amor, e temendo a morte.
Velaí por qué, entrando na alta e sombría casa
dos maiores, achegouse á fermosa africana, que estaba cocendo
unha beberaxe sobre un braseiro nunha pota de metal. Pois ela tamén
soñara á parte, e os seus pensamentos subiran á
fonte misteriosa do seu sorriso. Lucrecio considerou a beberaxe que
aínda fervía. Foise aclarando pouco a pouco e fíxose
parella a un ceo turbio e verde. E a fermosa africana sacudiu a fronte
e ergueu un dedo. Entonces Lucrecio bebeu o filtro. E de contado desapareceu
a súa razón, e esqueceu tódalas verbas gregas do
rolo de papiro. E por primeira vez, estando tolo, coñeceu o amor;
e na noite, envelenado, coñeceu a morte.
CLODIA
Matrona impúdica
Era filla de Apio Claudio Pulcher, cónsul. A penas tivo uns
anos distinguiuse dos irmáns polo lóstrego flagrante dos
seus ollos. Tertia, a súa irmá maior, casou cedo; a máis
moza cedeu enteiramente a tódolos seus caprichos. Os seus irmáns,
Apio e Caio, xa eran avarentos das ras de coiro e dos carriños
de noz que lles facían; máis tarde, foron ávidos
de sestercios. Mais Clodio, fermoso e feminino, foi compañeiro
das súas irmás. Clodia persuadiunas con miradas ardentes
para que o vestisen cunha túnica de mangas, e lle puxesen un
gorriño de fíos de ouro, e lle atasen baixo os peitos
un cinto lixeiro; despois cubríano cun veo cor de lume e levábano
ás camariñas onde se metía no leito coas tres.
Clodia foi a súa preferida, pero tamén tomou a virxindade
de Tertia e da pequena.
Cando Clodia tivo dezaoito anos morreulle o pai. Ela quedou na casa
do monte Palatino. Apio, o seu irmán, gobernaba o dominio, e
Caio preparábase para a vida pública. Clodio, sempre delicado
e imberbe, deitábase entre as súas irmás, que lles
chamaban Clodia ós dous. Empezaron a ir secretamente ós
baños con el. Dábanlles un cuarto de as ós grandes
escravos que lles daban a masaxe e despois facíanllelo devolver.
A Clodio tratábano coma ás súas irmás en
presencia delas. Tales foron os seus praceres antes do matrimonio.
A máis moza casou con Lúculo, que a levou a Asia, onde
lle facía a guerra a Mitrídates. Clodia tomou por marido
ó seu primo Metelo, un mesto home honrado. Neses tempos de revoltas
el tivo un espírito conservador e limitado. Clodia non podía
atura-la súa brutalidade rústica. Xa soñaba para
o seu querido Clodio con cousas novas. César comezaba a apoderarse
dos espíritos; Clodia xulgou que había que desfacelo.
Fixo que Pomponio Attico lle trouxese a Cicerón. A súa
sociedade era burlona e galante. Xunto a ela podíase atopar a
Licinio Calvo, o mozo Curión, alcumado a “neniña”,
Sexto Clodio que facía carreiras, Egnatio e a súa banda,
Catulo de Verona e Caelio Rufo, que estaba namorado dela. Metelo, sentado
pesadamente, non falaba palabra. Contaban os escándalos sobre
César e Mamurra. Despois Metelo, nomeado procónsul, marchou
para a Galia Cisalpina. Clodia quedou soa en Roma coa cuñada
Mucia. Os seus grandes ollos flamexantes enfeitizaron totalmente a Cicerón.
Teimaba que podía repudiar a Terencia, a súa muller, e
supuxo que Clodia deixaría a Metelo. Mais Terencia descubriu
todo e aterrorizou ó seu marido. Cicerón, medorento, renunciou
ós seus desexos. Terencia quixo máis, e Cicerón
tivo que romper con Clodia.
O irmán de Clodia ocupábase mentres tanto. Facíalle
o amor a Pompeia, muller de César. A noite da festa da Boa Deusa,
só debía haber mulleres na casa de César, que era
pretor. Pompeia ofrecía soa o sacrificio. Clodio vestiuse, ó
xeito en que a súa irmá tivera costume de disfrazalo,
de muller citarista, e entrou na casa de Pompeia. Unha escrava recoñeceuno.
A nai de Pompeia deu a alarma e o escándalo foi público.
Clodio quixo defenderse e xurou que estaba, durante ese tempo, na casa
de Cicerón. Terencia obrigou ó seu marido a negar: Cicerón
deu testemuña contra Clodio.
Dende entón Clodio estivo perdido no partido nobre. A súa
irmá acababa de pasa-la trintena. Era máis ardente que
xamais. Ela tivo a idea de facer adoptar a Clodio por un plebeo, para
que puidese facerse tribuno do pobo. Metelo, que volvera, adiviñou
os seus proxectos e fixo risa dela. Nese tempo, cando ela xa non tiña
a Clodio entre os brazos, deixouse amar por Catulo. O marido Metelo
parecíalles odioso. A súa muller decidiu librarse del.
Un día que viña do Senado, aborrecido, ela deulle de beber.
Metelo caeu morto no atrio. Dende entón Clodia era libre. Deixou
a casa do marido e volveu axiña enclaustrarse con Clodio no monte
Palatino. A súa irmá escapou da casa de Lúculo
e volveu con eles. Retomaron a súa vida entre tres e exerceron
o seu odio.
Primeiro Clodio, feito plebeo, foi designado tribuno do pobo. Malia
a súa gracia feminina, tiña a voz forte e mordente. Conseguiu
que exiliasen a Cicerón; fixo que lle arrasasen a casa diante
dos seus propios ollos, e xuroulles ruína e morte a tódolos
seus amigos. César era procónsul na Galia e non podía
facer nada. Sen embargo, Cicerón gañou influencias por
Pompeio, e conseguiu que o volvesen chamar ó ano seguinte. O
furor do tribuno mozo foi extremo. Atacou violentamente a Milón,
amigo de Cicerón, que empezaba a procura-lo consulado. Apostado
pola noite, tentou matalo, revolvendo ós escravos que lle levaban
os fachóns. O favor popular de Clodio diminuía. Cantaban
refráns obscenos sobre Clodio e Clodia. Cicerón denunciounos
nun discurso violento: nel trataba a Clodia de Medea e de Clitemnestra.
A rabia do irmán e da irmá acabou por estalar. Clodio
quixo incendia-la casa de Milón, e uns escravos gardiáns
matárono nas tebras.
Entón Clodia desesperouse. Collera e rexeitara a Catulo e despois
a Caelio Rufo e despois a Egnatio, os amigos do cal a levaran a baixas
tabernas: pero ela só amaba ó seu irmán Clodio.
Foi por el por quen envelenara ó seu marido. Foi por el por quen
atraera e seducira bandas de incendiarios. Cando morreu, faltoulle o
obxecto da súa vida. Ela aínda era fermosa e quente. Tiña
unha casa de campo no camiño de Ostia, uns xardíns preto
do Tíber e en Baia. Refuxiouse alí. Intentou distraerse
bailando lascivamente con mulleres. Non foi dabondo. O seu espírito
estaba ocupado polos estupros de Clodio, que seguía a ver imberbe
e feminino. Lembrábase de que nun tempo o prenderan os piratas
de Cilicia, que utilizaran o seu tenro corpo. Víñalle
tamén á memoria certa taberna onde estivera con el. O
frontón da porta estaba cheo de graffiti, e os homes que bebían
alí botaban un cheiro forte, e tiñan o peito peludo.
Roma atraeuna, pois, de novo. Errou nas primeiras vixilias polos cruceiros
e polos pasos estreitos. A insolencia de lóstrego dos seus ollos
seguía sendo a mesma. Nada podía apagala, e intentou todo,
mesmo recibi-la chuvia e deitar na lama. Foi dos baños ás
celas de pedra; as adegas nas que os escravos xogaban ós dados,
as salas baixas onde os cociñeiros e os cocheiros se emborrachaban
fóronlle coñecidas. Esperou ós que pasaban polas
rúas empedradas. Pereceu cara á mañá dunha
noite asfixiante por un estraño retorno dun costume que fora
seu. Un obreiro de batán pagáralle un cuarto de as; axexouna
ó crepúsculo da alba no camiño para collerllo e
estrangulouna. Despois botou o seu cadáver, cos ollos abertos
de par en par, á auga amarela do Tíber.
PETRONIO
Novelista
Naceu en días nos que faranduleiros vestidos con roupas verdes
facían pasar porquiños amestrados a través de aros
de lume, nos que porteiros barbudos, con túnica cor cereixa,
espelicaban chícharos nun prato de prata diante dos mosaicos
galantes á entrada das quintas, nos que os libertos, cheos de
sestercios, pretendían nas cidades de provincias as funcións
municipais, nos que recitadores cantaban nas sobremesas poemas épicos,
nos que a lingua estaba chea de verbas de ergástulo e de redundancias
inchadas chegadas de Asia.
A súa infancia pasou entre tales elegancias. Nunca puña
dúas veces unha la de Tiro. Facían varre-la prata que
caera no atrio xunto co lixo. Os xantares estaban compostos de cousas
delicadas e inesperadas, e os cociñeiros variaban sen cesar a
arquitectura das vituallas. Non había que sorprenderse, ó
abrir un ovo, de atopar nel un papafigo, nin ter medo de cortar unha
estatuíña imitada de Praxíteles e esculpida en
fígado graxo. O xeso que pechaba as ánforas estaba dilixentemente
dourado. Unhas caixiñas de marfil indio gardaban perfumes ardentes
destinados ós convidados. Os lavamáns estaban furados
de diferentes xeitos e enchidos de augas coreadas que sorprendían
ó abrollar. Toda a cristalería figuraba monstruosidades
irisadas. Ó coller certas urnas, as asas rompían baixo
os dedos e os lados abríanse para deixar caer flores pintadas
artificialmente. Paxaros de África coas fazulas escarlata cacarexaban
en gaiolas de ouro. Tralos enreixados incrustados, nas ricas paredes
das murallas, ouveaban moitos monos de Exipto con cara de can. En receptáculos
preciosos gabeaban delgados animais que tiñan flexibles escamas
rutilantes e ollos raiados de azul.
Deste xeito viviu Petronio na moleza, pensando que o mesmo aire que
respiraba estaba perfumado para o seu uso. Cando chegou á adolescencia,
despois de pecha-la súa primeira barba nunha arquiña adornada,
empezou a mirar arredor de si. Un escravo de nome Siro, que servira
na area, amosoulle as cousas descoñecidas. Petronio era pequeno,
negro, e chosco dun ollo. Non era para nada de raza nobre. Tiña
mans de artesán e un espírito cultivado. De aí
lle veu que lle collese gusto a moldea-las palabras e a inscribilas.
Non se asemellaban a nada do que os poetas vellos imaxinaran. Porque
se esforzaban en imitar todo o que rodeaba a Petronio. E só máis
tarde lle veu a ambiciosa amoladura de compoñer versos.
Coñeceu pois gladiadores bárbaros e botaporela de cruces
de camiños, homes con olladas oblicuas que parecen espia-los
legumes e arrincan os anacos de carne, nenos crechos que os senadores
paseaban, vellos faladeiros que discorrían sobre os asuntos da
cidade nas esquinas das rúas, serventes lascivos e candongas
respectadas, vendedoras de froitas e patróns de albergues, poetas
calamitosos e serventas bribonazas, sacerdotisas fraudulentas e soldados
errantes. Puña sobre eles o seu ollo chosco e collía con
exactitude os seus xeitos e as súas intrigas. Siro conduciuno
ós baños dos escravos, ás celas cativas das prostitutas
e ós reductos subterráneos onde os figurantes do circo
se exercitaban coas espadas de madeira. Ás portas da cidade,
entre as tumbas, contoulle as historias dos homes que cambian de pel,
que os negros, o sirios, os taberneiros e os soldados gardiáns
das cruces de suplicio facían pasar de boca en boca.
Cara ós trinta anos, Petronio, ávido desta liberdade diversa,
empezou a escribi-la historia de escravos errantes e disolutos. Recoñeceu
os seus hábitos entre as transformacións do luxo; recoñeceu
as súas ideas e a súa linguaxe entre as conversacións
educadas dos festíns. Só, diante do seu pergamiño,
apoiado sobre unha mesa recendente de madeira de cedro, debuxou coa
punta do seu cálamo as aventuras dun populacho ignorado. Á
luz das súas altas fiestras, baixo as pinturas dos artesoados,
imaxinou os fachóns fumegantes das hospedarías, e ridículos
combates nocturnos, molinetes de candelabros de madeira, cerraduras
forzadas a golpes de machada polos escravos da xustiza, catres graxentos
percorridos por chinches, e reprobacións de procuradores de barrio
en medio de agrupacións de pobres vestidos con cortinas esfarrapadas
e trapos de cociña sucios.
Disque cando acabou os dezaseis libros da súa invención,
fixo vir a Siro, para lerllos e que o escravo ría e berraba en
voz alta petando nas mans. Nese momento formaron o proxecto de poñer
en execución as aventuras compostas por Petronio. Tácito
relata falsamente que foi árbitro das elegancias na corte de
Nerón, e que Tixelino, celoso, fixo que lle enviasen a orde de
morte. Petronio non desvaneceu delicadamente nunha bañeira de
mármore, murmurando versiños lascivos. Escapou con Siro
e terminou a súa vida percorrendo os camiños.
A súa aparencia fíxolle fácil disfrazarse. Siro
e Petronio levaban alternándose o saquiño de coiro que
contiña as súas roupas e os seus denarios. Durmiron ó
raso, preto dos outeiros das cruces. Viron brillar tristemente na noite
as lampadiñas dos monumentos fúnebres. Comeron pan acedo
e olivas amolecidas. Non se sabe se roubaron. Foron magos ambulantes,
menciñeiros de campo e compañeiros de soldados vagabundos.
Petronio desaprendeu por completo a arte de escribir, tan pronto como
viviu a vida que imaxinara. Tiveron amigos mozos e traidores, que amaron,
e que os deixaron ás portas dos municipios colléndolles
ata o seu derradeiro as. Fixéronas todas con gladiadores escapados.
Foron barbeiros e mozos de baños. Durante varios meses viviron
de pans funerarios que roubaban nos sepulcros. Petronio aterrorizaba
ós viaxeiros polo seu ollo borroso e a súa negrura que
parecía maliciosa. Desapareceu unha noite. Siro pensou que o
atoparía nunha cela porcallenta onde coñeceran unha rapaza
cos cabelos enguedellados. Pero un touciñeiro borracho metéralle
unha folla ancha no pescozo mentres xacían xuntos no campo ó
raso, sobre as lousas dun panteón abandonado.
SUFRAH
Xeomántico
A historia de Aladino conta enganada que envelenaron ó mago
africano no seu palacio e que botaron o seu corpo denegrido e lañado
pola forza da droga ós cans e ós gatos; é certo
que esa aparencia enganou ó seu irmán e que o apuñalaron
logo de vesti-lo hábito de Santa Fátima; pero non é
menos certo que o magrebí Sufrah (pois ese era o nome do mago)
só adormeceu pola omnipotencia do narcótico, e escapou
por unha das vintecatro fiestras do gran salón, mentres Aladino
bicaba docemente a princesa.
Nada máis tocar terra, despois de de baixar con comodidade dabondo
por un dos canos de ouro polos que desaugaba a terraza, o palacio desapareceu,
e Sufrah atopouse só no medio da area do deserto. Non lle quedaba
sequera unha das botellas do viño de África que fora buscar
á adega a petición da princesa mentireira. Desesperado,
sentou baixo o sol ardente, e sabendo ben que a extensión de
area tórrida que o rodeaba era infinita, envolveu a testa coa
capa e esperou a morte. Xa non posuía ningún talismán;
xa non tiña ningún perfume para face-las súas sufumigacións,
nin sequera unha variña que lle puidese indicar unha fonte fondamente
agochada para calma-la súa sede. Chegou a noite, azul e quente,
pero que temperou un pouco a inflamación dos seus ollos. Tivo
entón a idea de trazar na area unha figura de xeomancia, e de
preguntar se estaba destinado a finar no deserto. Cos dedos marcou as
catro grandes liñas compostas de puntos que se sitúan
baixo a invocación do Lume, da Auga, da Terra e do Aire, á
esquerda, e á dereita, do Mediodía, do Oriente, do Occidente
e do Setentrión. E no extremo destas liñas recolleu os
puntos pares e impares, para compoñer con eles a primeira figura.
Para a súa ledicia viu que era a figura da Fortuna Maior, do
que se infería que escaparía do perigo. A primeira figura
tiña que estar situada na primeira casa de astroloxía,
que é a casa do que pregunta. E na casa que se chama “Corazón
do Ceo”, volveu atopar a figura da Fortuna Maior, o que lle amosou
que tería éxito e gloria. Pero na oitava casa, que é
a casa da Morte, viu cae-la figura do vermello, que anuncia o sangue
ou o lume, o que é de presaxio sinistro. Logo de ergue-las figuras
das doce casas, sacou dúas testemuñas, e entre eles un
xuíz, para asegurarse de que calculara a súa operación
xustamente. A figura do xuíz foi a da prisión, polo que
coñeceu que atoparía a gloria, con gran perigo, nun lugar
pecho e secreto.
Seguro de non morrer no sitio, Sufrah púxose a pensar. Non tiña
a esperanza de volver conquista-la lámpada, que fora transportada
co palacio ó centro da China. Sen embargo, ocorréuselle
que nunca investigara quén era o verdadeiro dono do talismán
e o antigo posuidor do gran tesouro e do xardín dos froitos preciosos.
Unha segunda figura de xeomancia, que leu segundo as letras do alfabeto,
reveloulle os carácteres S. L. M. N., que trazou sobre a area,
e a décima casa confirmou que o dono deses carácteres
era rei. Sufrah soubo axiña que a lámpada marabillosa
fixera parte do tesouro do rei Salomón. Entón estudiou
detidamente tódolos signos, e a Cabeza do dragón indicoulle
o que buscaba –pois estaba unida pola Conxunción á
figura do Mociño, que marca as riquezas agochadas na terra, e
á da Prisión, onde se pode le-la posición das bóvedas
pechadas.
E Sufrah deu palmas: pois a figura de xeomancia amosaba que o corpo
do rei Salomón se conservaba na mesma terra de África,
e que aínda levaba no dedo o seu selo todopoderoso que dá
a inmortalidade terrestre: aínda que o rei debía levar
durmido miríades de anos. Sufrah, ledo, esperou a alba. Entre
fusco e lusco azul, viu pasar saqueadores Ba-da-ouï, que tiveron
piedade do seu desamparo, cando lles implorou, e que lle deron unha
bolsiña de dátiles e un cabazo cheo de auga.
Sufrah púxose en marcha cara ó lugar designado. Era un
sitio árido e pedrallento, entre catro montañas núas,
ergueitas coma dedos cara ás catro esquinas do ceo. Alí
trazou un círculo e pronunciou unhas palabras, e a terra tremeu
e abriuse, e deixou ver unha lousa de mármore cun anel de bronce.
Sufrah agarrou o anel e invocou tres veces o nome de Salomón.
A lousa ergueuse de contado, e Sufrah baixou por unha escaleira estreita
ó subterráneo.
Dous cans de lume saíron de dous nichos opostos e vomitaron chamas
entrecruzadas. Pero Sufrah pronunciou o nome máxico, e os cans
que gruñían desapareceron. Despois atopou unha porta de
ferro que xirou silenciosamente en canto lle tocou. Atravesou un corredor
escavado no pórfiro. Uns candelabros de sete brazos ardían
cunha luz eterna. Ó fondo do corredor había unha sala
cadrada con muros de xaspe. No centro, un braseiro de ouro despedía
un intenso resplandor. E sobre unha cama feita dun só diamante
tallado, e que semellaba un bloque de lume frío, estaba deitada
unha forma vella, de barba branca, coa fronte cinguida por unha coroa.
Preto do rei xacía un gracioso corpo reseco, coas mans aínda
estendidas para aperta-las del; pero a calor dos bicos xa estaba apagada.
E sobre a man colgante do rei Salomón Sufrah viu brilla-lo gran
selo.
Acercouse de xeonllos e, arrastrándose ata o leito, levantou
a man regañada, escorregou o anel e colleuno.
Axiña, cumpriuse a escura predicción xeomántica.
O soño de inmortalidade do rei Salomón rompeuse. Nun segundo,
o seu corpo desfíxose e reduciuse a unha manchea de osamentas
brancas e puídas que as mans delicadas da momia semellaban protexer
aínda. Pero Sufrah, fulminado polo poder da figura do Vermello
na casa da Morte, trousou nun chorro vermello todo o sangue da súa
vida e caeu no adormecemento da inmortalidade terrestre. Co selo do
rei Salomón no dedo, deitouse preto do leito de diamante, preservado
da corrupción durante miríades de anos, no lugar pecho
e secreto que lera na figura da Prisión. A porta de ferro caeu
de novo sobre o corredor de pórfiro e os cans de lume empezaron
a vela-lo xeomántico inmortal.
FRATE DOLCINO
Herexe
Aprendeu a coñece-las cousas santas na igrexa de Orto San Michele,
onde a súa nai o erguía para que puidese tocar coas manciñas
as fermosas figuras de cera penduradas diante da Santa Virxe. A casa
dos seus pais comunicaba co baptisterio. Tres veces ó día,
ó amencer, ó mediodía e á noite, vía
pasar dous irmáns da orde de San Francisco que mendigaban pan
e levaban as codias nun cesto. Seguíaos decote ata a porta do
convento. Un deses monxes era moi vello: dicía que aínda
o ordenara o mesmo San Francisco. Prometeulle ó neno ensinarlle
a falar ós paxaros e a tódolos pobres animais dos campos.
Dolcino pasou pronto os seus días no convento. Cantaba cos seus
irmáns e a súa voz era fresca. Cando soaba a campá
para pela-los legumes, axudáballes a limpa-las herbas ó
redor da gran pía. O cociñeiro Robert prestáballe
un vello coitelo e deixáballe frega-las escudelas co estropallo.
A Dolcino gustáballe mirar no refectorio a cuberta da lámpada
na que estaban pintados os doce apóstolos coas sandalias de madeira
nos pés e uns mantiños que lles cubrían os ombreiros.
Pero o seu maior pracer era saír cos irmáns cando ían
mendiga-lo pan de porta en porta, e levárlle-lo cesto cuberto
cun pano. Un día que andaban así, na hora na que o sol
estaba alto no ceo, negáronlles a esmola en varias casas baixas
na ribeira do río. Ía moita calor: os irmáns tiñan
moita sede e moita fame. Entraron nun patio que non coñecían
de nada e Dolcino botou un berro ó pousa-lo cesto. Pois este
patio estaba tapizado de viñas cheas de follas e todo cheo de
verdor deleitable e transparente; os leopardos saltaban alí con
moitos animais de alén mar, e alí estaban sentadas moitas
mozas fermosas e mozos vestidos con tecidos brillantes que tocaban tranquilamente
zanfonas e cítaras. Alí a calma era fonda, a sombra, mesta
e recendente. Todos escoitaban en silencio ós que cantaban, e
o canto era nun modo extraordinario. Os irmáns no dixeron nada;
a súa fame e a súa sede foi satisfeita; non ousaron pedir
nada. Con grande esforzo decidíronse a saír, pero na ribeira
do río, xirándose, non viron abertura ningunha na muralla.
Creron que era unha visión de necromancia, ata o momento no que
Dolcino descubriu o cesto. Estaba cheo de pans brancos coma se Xesús
coas súas propias mans multiplicase nel as ofrendas.
Así lle foi revelado a Dolcino o milagre da mendicidade. Sen
embargo non entrou na orde, pois recibiu unha idea máis alta
e singular da súa vocación. Os irmáns levábano
polos camiños cando ían dun convento a outro, de Bolonia
a Módena, de Parma a Cremona, de Pistoia a Lucca. E foi en Pisa
onde se sentiu arrebatado pola verdadeira fe. Durmía sobre a
cima dun muro do palacio bispal, cando o espertou o son da bucina. Unha
morea de nenos que levaban ramos e candeas acesas rodeaban na praza
a un home salvaxe que sopraba nunha trompeta de bronce. Dolcino creu
ver a San Xoán Bautista. Aquel home tiña unha barba longa
e negra; vestía un saco de cilicio escuro, marcado cunha gran
cruz vermella, desde o pescozo ata os pés; arredor do seu corpo
levaba atada unha pel de animal. Berrou cunha voz terrible: Laudato
et benedetto et glorificato sia lo Patre; e os nenos repetiron en voz
alta; despois engadiu: sia lo Fijo, e os nenos arremedárono;
despois engadiu: Sia lo Spiritu Sancto; e os nenos dixeron o mesmo despois
del; despois cantou con eles: ¡Aleluia, aleluia, aleluia! Finalmente,
soprou na trompeta e púxose a orar. A súa verba era áspera
coma o viño da montaña –pero atrouxo a Dolcino–.
Onde queira que o monxe do cilicio tocaba a bucina, Dolcino ía
admiralo, desexando a súa vida. Era un ignorante axitado pola
violencia; non sabía nada de latín; para ordena-la penitencia
berraba: Penitenzagite! Pero anunciaba sinistramente as prediccións
de Merlín, e da Sibila, e do abate Joachim, que están
no Libro das Figuras; profetizaba que o Anticristo viñera na
forma do emperador Federico Barba Roxa, que se consumara a súa
ruína, e que os Sete Ordes ergueríanse logo tras del,
segundo a interpretación da Escritura. Dolcino seguiuno ata Parma,
onde lle veu a inspiración e comprendeu todo.
O Anunciador precedía Ó que había de vir, o fundador
do primeiro dos Sete Ordes. Na pedra ergueita de Parma, onde facía
anos que os alcaldes falaban ó pobo, Dolcino proclamou a nova
fe. Dicía que había que se vestir con manteletas de tea
branca, coma os apóstolos que estaban pintados na cuberta da
lámpada, no refectorio dos Irmáns Menores. Aseguraba que
non chegaba con facerse bautizar; e para volver enteiramente á
inocencia dos nenos, fabricou un berce, fixo que lle puxesen enxovais
e pediulle o peito a unha muller simple que chorou de piedade. Para
pór a súa castidade a proba, pediulle a unha burguesa
que persuadise a súa filla de que se deitase espida contra el
nun leito. Mendigou un saco cheo de denarios e distribuíunos
entre os pobres, os ladróns e as mozas comúns, declarando
que non facía falta traballar, senón vivir ó xeito
dos animais nos campos. Roberto, o cociñeiro do convento, escapou
para seguilo e alimentalo nunha escudela que lles roubara ós
pobres irmáns. As xentes piadosas pensaron que volvera o tempo
dos cabaleiros de Xesucristo e dos cabaleiros de Santa María,
e dos que seguiran noutros tempos, errantes e carraxentos, a Gerardino
Secarelli. Xuntábanse pampos arredor de Dolcino e murmuraban:
“Pai, pai, pai!” Pero os Irmáns Menores fixérono
botar de Parma. Unha moza de casa nobre, Margherita, correu tras del
pola porta que dá ó camiño de Plasencia. Cubriuna
cun saco marcado cunha cruz e levouna con el. Os porqueiros e mailos
vaqueiros fitábanos nos bordos dos campos. Moitos deixaron os
seus animais e foron con eles. Mulleres prisioneiras que os homes de
Cremona mutilaran cruelmente cortándolle-lo nariz imploráronlles
e seguíronos. Levaban a cara envolta nun lenzo branco; Margherita
instruíunas. Establecéronse todos nunha montaña
fragosa, non lonxe de Novara, e practicaron a vida común. Dolcino
non estableceu nin regra nin orde ningunha, pois estaba convencido de
que tal era a doutrina dos apóstolos, e que tódalas cousas
debían ser por caridade. Os que querían alimentábanse
coas bagas das árbores; outros mendigaban nos poboados, outros
roubaban gando. A vida de Dolcino e de Margherita foi libre baixo o
ceo. Pero as xentes de Novara non quixeron comprendelo. Os campesiños
queixábanse dos roubos e do escándalo. Fixeron vir unha
banda de homes de armas para cingui-la montaña. O país
expulsou ós apóstolos. A Dolcino e Margherita atáronos
sobre unha burra, de cara ás ancas; leváronos á
gran praza de Novara. Queimáronos alí na mesma fogueira,
por orde da xustiza. Dolcino só pediu unha gracia: que os deixasen
vestidos, no suplicio, entre as chamas, coma os Apóstolos da
cobertura da lámpada, coas súas dúas manteletas
brancas.
CECCO ANGOLIERI
Poeta rancoroso
Cecco Angolieri naceu rancoroso en Siena, o mesmo día que Dante
Alighieri en Florencia. O seu pai, que se enriquecera no comercio das
las, inclinábase polo Imperio. Dende a súa infancia, Cecco
tivo celos dos grandes, desprezounos e rosmou oracións. Moitos
nobres xa non querían someterse ó Papa. Sen embargo os
xibelinos cederan. Pero entre os Güelfos mesmos había os
Brancos e os Negros. Os Brancos non aborrecían a intervención
imperial. Os negros seguían fieis á Igrexa, a Roma, á
Santa Sede. Cecco tivo o instinto de facerse Negro, quizais porque o
seu pai era Branco.
Odiouno case dende o primeiro alento. Ós quince anos reclamou
a súa parte da fortuna coma se o vello Angolieri morrese. O rexeitamento
anoxouno e deixou a casa paterna. Dende entón non deixou de queixarse
ós que pasaban e ó ceo. Veu a Florencia polo camiño
grande. Os Brancos aínda reinaban alí, mesmo despois de
que botasen ós xibelinos. Cecco mendigou o seu pan, deu testemuña
da dureza do seu pai e acabou por aloxarse no cubil dun zoqueiro que
tiña unha filla. Chamábase Becchina e Cecco creu que a
amaba.
O zoqueiro era un home sinxelo, amigo da Virxe, da que levaba medallas,
e persuadido de que a súa devoción lle daba dereito a
corta-los zapatos en coiro ruín. Parolaba con Cecco da santa
teoloxía e da excelencia da gracia, á luz dunha candea
de resina, antes da hora de deitarse. Becchina lavaba os pratos, e tiña
o pelo sempre enguedellado. Ría de Cecco porque tiña a
boca torta.
Por ese tempo, empezou a estenderse en Florencia o rumor do amor excesivo
que tivera Dante dos Alighieri pola filla de Folco Ricovero de Portinari,
Beatriz. Os letrados sabían de memoria as cancións que
lle dedicara. Cecco oíunas recitar e censurounas duramente.
—Oh, Cecco –dixo Becchina–, ti fas burla dese Dante,
pero non serías capaz de escribir tan fermosos envíos
para min.
—Xa veremos –dixo Angolieri, burlándose.
E primeiro compuxo un soneto no que criticaba a medida e o sentido das
cancións de Dante. Despois fixo versos para Becchina, que non
os sabía ler, e que estoupaba coa risa cando Cecco llos declamaba,
porque non podía atura-los acenos amorosos da súa boca.
Cecco era pobre e espido coma unha pedra de igrexa. Amaba á nai
de Deus con furor, o que volvía ó zoqueiro indulxente.
Os dous xuntos vían algúns clérigos miserables,
asalariados dos Negros. Esperaban moito de Cecco, que semellaba iluminado,
pero non había diñeiro que darlle. Así, malia a
súa loable fe, o zoqueiro tivo que casar a Becchina cun veciño
gordo, Barberino, que vendía aceite. “¡E o aceite
pode ser santo!”, díxolle piadosamente o zoqueiro a Cecco
Angolieri, para escusarse. Fixeron a voda máis ou menos ó
mesmo tempo que Beatriz casou con Simone de Bardi. Cecco imitou a dor
de Dante.
Pero Becchina non morreu para nada. O 9 de xuño de 1291, Dante
debuxaba sobre unha taboíña, e era o primeiro aniversario
trala morte de Beatriz. Descubriron que esbozara un anxo de rostro semellante
ó rostro da benquerida. Once días despois, o 20 de xuño,
Cecco Angolieri (cando Barberino estaba ocupado no mercado do aceite)
obtivo de Becchina o favor de bicala na boca, e compuxo un soneto ardente.
A xenreira non minguou no seu corazón por iso. Quería
ouro co seu amor. Non llo puido sacar ós usureiros. Esperou obtelo
do seu pai e foise para Siena. Pero o vello Angolieri negoulle ó
fillo mesmo un vaso de viño cativo, e deixouno sentado no camiño,
diante da casa.
Cecco vira na sala unha bolsa de floríns que acabaran de acuñar.
Eran as rendas de Arcidosso e de Montegiovi. Morría coa fame
e coa sede; as súas roupas estaban esfarrapadas, a súa
camisa fumegaba. Volveu, poeirento, a Florencia, e Barberino púxoo
na porta da súa tenda, por causa dos seus farrapos.
Cecco volveu, polo serán, ó antro do zoqueiro, ó
que atopou cantándolle unha dócil canción a María
ó fume da candea.
Os dous bicáronse e choraron piadosamente. Despois do himno,
Cecco contoulle ó zoqueiro o odio terrible e desesperado que
lle tiña ó pai, un vello que ameazaba con vivir tanto
coma o xudeu errante Botadeo. Un crego que entraba para conferenciar
sobre as necesidades do pobo persuadiuno de espera-la súa liberación
no estado monástico. Conduciu a Cecco a unha abadía, onde
lle deron unha cela e un vello hábito. O prior impúxolle
o nome de irmán Henrique. No coro, durante os cantos nocturnos,
tocaba coas mans as lousas despoxadas e frías coma el. A carraxe
apertáballe a gorxa cando lle daba por matinar na riqueza do
pai; semelláballe que antes secaba o mar que morría seu
pai. Sentíase tan desposuído que houbo momentos nos que
creu que lle gustaría ser sumidoiro de cociña. “É
algo, dicía para el, ó que ben se podería aspirar.”
Noutros momentos, tivo a tolemia do orgullo: “Se eu fose lume”,
pensou, “faría arde-lo mundo; se fose vento, sopraría
o furacán nel; se fose auga, afogaríao no diluvio; se
fose Deus, afundiríao no espacio; se fose papa, non habería
máis paz baixo o sol; se fose o Emperador, cortaría gorxas
por todos lados; se fose a Morte, iría atopar a meu pai... Se
fose Cecco... velaí toda a miña esperanza...” Pero
era frate Arrigo. Despois volveu á súa xenreira. Fíxose
cunha copia das cancións para Beatriz e comparounas pacientemente
cos versos que escribira para Becchina. Por un monxe errante soubo que
Dante falaba del con abafo. Buscou os medios para se vingar. A superioridade
dos sonetos a Becchina semelláballe evidente. As cancións
para Bice (dáballe o seu nome vulgar) eran abstractas e brancas;
as súas estaban cheas de forza e de cor. Primeiro envioulle versos
de insulto a Dante; despois matinou denuncialo ó bo rei Carlos,
conde de Provenza. Finalmente, como ninguén se preocupaba nin
polas súas poesías nin polas súas cartas, quedou
sen poder facer nada. En fin, aburriuse de alimenta-la súa xenreira
na inacción, despoxouse do seu hábito, volveu pó-la
camisa sen corchetes, a súa chaquetiña usada, o seu carrapucho
lavado pola choiva e volveu solicita-la asistencia dos Irmáns
devotos que traballaban para os Negros.
Esperáballe unha gran ledicia. Dante fora exiliado: só
había partidos escuros en Florencia. O zoqueiro murmuráballe
humildemente á Virxe o próximo triunfo dos Negros. Na
súa voluptuosidade, Cecco Angolieri esqueceu a Becchina. Vagou
polos regachos, comeu codias duras, correu a pé tralos enviados
da Igrexa que ían a Roma e volvían a Florencia. Viron
que podería servir. Corso Donati, xefe violento dos Negros, que
volvera a Florencia, e poderoso, empregouno xunto con outros. A noite
do 10 de xuño de 1304, unha turba de cociñeiros, de tintureiros,
de ferreiros, de cregos e de mendigos, invadiu o nobre barrio de Florencia
onde estaban as fermosas casas dos Brancos. Cecco Angolieri brandía
o fachón resinoso do zoqueiro que o seguía a distancia,
admirando os decretos celestes. Incendiaron todo e Cecco prendeulle
lume ó artesoado dos balcóns dos Cavalcanti, que foran
os amigos de Dante. Aquela noite apagou a súa sede de odio con
lume. Ó día seguinte envioulle a Dante “o lombardo”
versos de insulto á corte de Verona. O mesmo día converteuse
en Cecco Angolieri, como o desexara tantos anos: o seu pai, tan vello
coma Elías ou Enoch, morreu.
Cecco correu a Siena, desfondou os cofres e afundiu as mans nas bolsas
de floríns novos, repetiu para si cen veces que xa non era o
pobre irmán Henrique, senón nobre, señor de Arcidosso
e de Montegiovi, máis rico ca Dante e mellor poeta. Despois pensou
que era pecador e que desexara a morte do seu pai. Arrepentiuse. Esborranchou
no mesmo momento un soneto para pedirlle ó Papa unha cruzada
contra tódolos que insultaran ós seus pais. Ávido
de confesarse, volveu bulindo a Florencia, deulle unha aperta ó
zoqueiro, e suplicoulle que intercedese ante María por el.
Precipitouse á casa do mercador de ceras santas e comprou unha
gran candea. O zoqueiro acendeuna untuosamente. Os dous choraron e rezaron
á Nosa Señora. Ata as horas serodias escoitouse a voz
plácida do zoqueiro que cantaba gabanzas, aledábase co
seu fachón e enxugaba as bágoas do seu amigo.
PAOLO UCCELLO
Pintor
Chamábase realmente Paolo di Dono, mais os florentinos chamáronlle
Uccelli, ou Paulo paxaros, a causa do gran número de paxaros
figurados e de animais pintados que enchían a súa casa:
pois era demasiado pobre para alimentar animais ou procura-los que non
coñecía. Din mesmo que en Padua executou un fresco dos
catro elementos, e que lle deu por atributo ó aire a imaxe do
camaleón. Pero nunca os vira, de xeito que representou un camelo
barrigudo co fociño aberto. (Agora ben, o camaleón, explica
Vasari, aseméllase a unha lagarta seca, mentres que o camelo
e unha gran besta desgairada.) E é que Uccello non se preocupaba
para nada da realidade das cousas, senón da súa multiplicidade
e do infinito das liñas; de xeito que fixo campos azuis, e cidades
vermellas, e cabaleiros que levaban armaduras negras sobre cabalos de
ébano coa boca flamexante, e lanzas dirixidas coma raios de luz
cara a tódolos puntos do ceo. E tiña o costume de debuxar
mazocchi, que son círculos de madeira recuberta de pano que se
poñen na cabeza, de xeito que os pregos do tecido sobrante rodeen
todo o rostro. Uccello debuxounos apuntados, outros cadrados, outros
con facetas, dispostos en pirámides e en conos, seguindo tódalas
aparencias da perspectiva, ata atopar un mundo de combinacións
nos pregues do mazzocchio. E o escultor Donatello dicíalle: “¡Ah!
¡Paolo, déixa-la sustancia para a sombra!”
Pero o Paxaro seguía a súa obra paciente, e xuntaba os
círculos, e dividía os ángulos, e examinaba tódalas
criaturas baixo tódolos seus aspectos, e íalle pregunta-la
interpretación dos problemas de Euclides ó seu amigo o
matemático Giovanni Manetti; e despois pechábase e cubría
os seus pergameos e as súas táboas de puntos e de curvas.
Empregouse perpetuamente no estudio da arquitectura, no que foi axudado
por Filippo Brunelleschi; pero non era en absoluto coa intención
de construír. Limitábase a reparar nas direccións
das liñas desde os alicerces ata as cornixas, e na converxencia
das rectas nas súas interseccións, e no xeito no que as
bóvedas volvían ás claves, e no escorzo en abanico
das trabes do teito que parecían xuntarse no extremo das longas
salas. Tamén representaba tódolos animais e os seus movementos,
e os xestos dos homes para reducilos a liñas simples.
Acto seguido, semellante ó alquimista que se inclinaba sobre
as mesturas de metais e de órganos e que espiaba a súa
fusión no propio forno para atopar ouro, Uccello vertía
tódalas formas no crisol das formas. Reuníaas, e combinábaas,
e fundíaas, para obte-la súa transmutación na forma
simple, da que dependen tódalas outras. Velaí por qué
Paolo Uccello viviu coma un alquimista no fondo da súa casiña.
Creu que podería mudar tódalas liñas nun só
aspecto ideal. Quixo concibi-lo universo creado tal como se reflectía
no ollo de Deus, que ve abrollar tódalas figuras fóra
dun centro complexo. Arredor del vivían Ghiberti, della Robbia,
Brunelleschi, Donatello, cada un orgulloso e mestre da súa arte,
burlándose do coitado Ucello, e da súa tolemia da perspectiva,
compadecendo a súa casa chea de arañas, baleira de provisións;
pero Uccello era aínda máis orgulloso. A cada nova combinación
de liñas esperaba ter descuberto o xeito de crear. Non era na
imitación onde puña o seu obxectivo, senón no poder
de desenvolver soberanamente tódalas cousas, e a estraña
serie de carrapuchas con pregues parecíalle máis reveladora
cás magníficas figuras de mármore do gran Donatello.
Deste xeito vivía o Paxaro, e a súa testa pensativa estaba
envolta na súa capa; e non se decataba do que comía nin
do que bebía, senón que era enteiramente semellante a
un eremita. E así foi que nunha pradería, preto dun círculo
de vellas pedras afundidas entre a herba, viu un día unha moza
que ría, coa cabeza cinguida por unha grilanda. Levaba un longo
vestido delicado sostido nos riles por unha cinta esvaecida, e os seus
movementos eran flexibles coma os talos que curvaba. Chamábase
Selvaggia, e sorriulle a Uccello. El notou a flexión do seu sorriso.
E cando ela o fitou, el viu tódalas pequenas liñas das
súas pestanas, e os círculos das súas pupilas,
e a curva das súas pálpebras, e os entretecidos sutís
dos seus cabelos, e no seu pensamento fixo describir unha multitude
de posicións á grilanda que cinguía a súa
fronte. Pero Selvaggia non soubo nada diso, porque só tiña
trece anos. Colleu a Uccello pola man e amouno. Era a filla dun tintureiro
de Florencia, e a súa nai morrera. Outra muller viñera
á casa, e batéralle. Uccello levouna á casa del.
Selvaggia permanecía todo o día en crequenas diante da
parede sobre a que Uccello trazaba as formas universais. Endexamais
comprendeu por qué el prefería considerar unhas liñas
rectas e unhas liñas arqueadas a mira-la doce figura que se erguía
cara a el. No serán, cando Brunelleschi ou Manetti viñan
estudiar con Uccello, ela adurmiñaba, pasada a media noite, ó
pé das rectas entrecruzadas, no círculo de sombra que
se estendía baixo a lámpada. Pola mañá acordaba
antes que Uccello, e aledábase porque estaba rodeada de paxaros
pintados e de animais de cores. Uccello debuxou os seus beizos, e os
seus ollos, e o seu pelo, e as súas mans, e fixou tódalas
posturas do seu corpo; pero nunca fixo o seu retrato, como facían
os outros pintores que amaban a unha muller. Pois o Paxaro non coñecía
a ledicia de limitarse a un individuo; nunca ficaba nun só lugar:
quería planar, no seu voo, sobre tódolos lugares. E as
formas das posturas de Selvaggia foron arreboladas ó crisol das
formas, xunto con tódolos movementos dos animais, e as liñas
das plantas e das pedras, e os raios da luz, e as ondulacións
dos bafos terrestres e das ondas do mar. E sen lembrarse de Selvaggia,
Uccello parecía ficar eternamente inclinado sobre o crisol das
formas.
Mais non había nada de comer na casa de Uccello. Selvaggia non
ousaba dicirllo a Donatello nin ós outros. Calou e morreu. Uccello
representou o proceso da rixidez do seu corpo, e a unión das
súas manciñas fracas. Non soubo que ela morrera, do mesmo
xeito que non soubera se estaba viva. Pero arrebolou esas novas formas
entre tódalas que reunira.
O paxaro fíxose vello, e ninguén comprendía xa
os seus cadros. Só vían neles unha confusión de
curvas. Xa non se recoñecía máis nin a terra, nin
as plantas, nin os animais, nin os homes. Facía longos anos que
traballaba na súa obra suprema, que agochaba a tódolos
ollos. Ía abranguer tódalas súas procuras, e era
a imaxe delas na súa concepción. Era santo Tomás
incrédulo, tentando a chaga de Cristo. Uccello rematou o seu
cadro ós oitenta anos. Fixo vir a Donatello, e descubriuno piadosamente
diante del. E Donatello exclamou: “¡Oh, Paolo, volve cubri-lo
cadro!” O Paxaro interrogou ó gran escultor: pero este
non quixo dicir máis. De xeito que Uccello comprendeu que completara
o milagre. Pero Donatello só vira un enguedello de liñas.
E uns anos máis tarde atoparon a Paolo Uccello morto de esgotamento
no propio catre. O seu rostro radiaba engurras. Os seus ollos estaban
fixados sobre o misterio revelado. Tiña no puño apertado
un circuliño de pergameo cuberto de entrelazados que ían
do centro á circunferencia e que volvían da circunferencia
ó centro.
NICOLÁS LOYSELEUR
Xuíz
Naceu o día da Asunción, e foi devoto da Virxe. Tiña
o hábito de invocala en tódalas circunstancias da súa
vida e non podía oí-lo seu nome sen que se lle enchesen
os ollos de bágoas. Despois de estudiar nun faiadiño da
rúa Saint-Jacques baixo a titoría dun clérigo fraco,
na compaña de tres rapaces que rosmaban o Donat e os salmos da
Penitencia, aprendeu laboriosamente a lóxica de Ockham. Deste
xeito fíxose axiña bacharel e mestre en artes. As venerables
persoas que o instruían notaron nel unha gran dozura e unha unción
encantadora. Tiña uns beizos gordos dos que esvaraban as verbas
para adorar. Dende que tivo o bacharelato de teoloxía, a Igrexa
puxo os ollos nel. Oficiou primeiro na diocese do bispo de Beauvais,
que soubo das súas calidades e serviuse del para avisar ós
ingleses que estaban diante de Chartres sobre diversos movementos dos
capitáns franceses. Cando tivo arredor de trinta e cinco años
de idade fixérono cóengo da catedral de Roñen.
Alí foi bo amigo de Mean Bruillot, cóengo e chantre, co
que salmodiaba fermosas ladaíñas en honor de María.
Ás veces amoestaba a Nicole Coppequesne, que era do seu cabido,
sobre a súa aburrida predilección por Santa Anastasia.
Nicole Coppequesne non cansaba de admirar que unha rapaza tan asisada
enfeitizara a un prefecto romano ata o punto de namoralo, nunha cociña,
das marmitas e dos caldeiros, que el bicaba con tanto fervor que rematou
parecendo un demo coa cara toda negrexada. Pero Nicolás Loyseleur
mostráballe cómo o poder de María foi superior
cando fixo volver á vida a un monxe afogado. Era un monxe lúbrico,
pero que nunca deixara de reverenciar á Virxe. Unha noite, erguéndose
para ir ás súas malas obras, tivo coidado, mentres pasaba
diante do altar de Notre-Dame, de facer unha xenuflexión, e de
saudala. A súa lubricidade fixo que afogase no río esa
mesma noite. Pero os demos non o deron levado, e cando os monxes sacaron
o seu corpo da auga, o día seguinte, abriu os ollos de novo,
reanimado pola graciosa María. “¡Ah! Esta devoción
é un santo remedio”, suspiraba o cóengo, “e
unha persoa venerable e discreta coma vostede, Coppequesne, debe sacrificarlle
o amor a Anastasia.”
A gracia persuasiva de Nicolás Loyseleur non foi esquecida en
absoluto polo bispo de Beauvais cando empezou a instruír en Roñen
o proceso de Jeanne la Lorraine. Nicolás vestiuse con hábitos
curtos, laicos, e coa súa tonsura escondida baixo un capucho,
fíxose introducir na cativa cela redonda, baixo dunha escaleira,
onde estaba encerrada a presa.
—Jeannette –dixo, manténdose na sombra–, paréceme
que é Santa Catarina quen me envía a ti.
—E, no nome de Deus, ¿quen é vostede logo? –preguntou
Jeanne.
—Un coitado zapateiro de Greu –dixo Nicolás–.
Vaia, do noso malfadado país; e os “Godons”
prendéronme coma a ti, rapaciña, ¡loada sexas do
ceo! ¡Anda! Coñézote ben; e téñote
visto moitísimas veces cando lle viñas rezar á
moi santa Nai de Deus na igrexa de Santa María de Bermont. E
teño escoitado contigo decote as misas do noso bo crego Guillaume
Front. Vaia, ¿e acórdaste de Mean Moreau e de Mean Barre
de Neufchâteau? Son os meus compadres.
Entón Jeanne chorou.
—Jeannette, ten confianza en mín –dixo Nicolás–.
Ordenáronme crego cando era neno. E, mira, velaquí a tonsura.
Confesa rapaciña, confesa con toda liberdade, que son amigo do
noso gracioso rei Charles.
—Confesaríame de boa gana a vostede, amigo meu –dixo
a boa Jeanne.
Agora ben, fixeran un burato no muro; e fóra, baixo un chanzo
da escaleira, Guillaume Manchon e Bois-Guillaume rexistraban as minutas
da confesión. E Nicolás Loyseleur dicía:
—Jeannette, persiste nas túas verbas e sé constante;
oos ingleses non ousarán facerche mal.
Ó día seguinte, Jeanne foi diante dos xuíces. Nicolás
Loyseleur colocárase cun notario no oco dunha fiestra, tras un
pano de estameña, para engorda-los cargos só e deixar
en branco as escusas. Pero os outros dous escribáns reclamaron.
Cando Nicolás reapareceu na sala, fíxolle acenos a Jeanne
para que non parecese nada sorprendida, e asistiu severamente ó
interrogatorio.
O 9 de maio opinou na gran torre do castelo que se debían insta-los
tormentos.
O 12 de maio, os xuíces reuníronse na casa do bispo de
Beauvais para deliberar se era útil someter a Jeanne a tortura.
Guillaume Erart pensaba que non pagaba a pena, habendo materia ampla
dabondo sen tortura. Mestre Nicolás Loyseleur dixo que lle parecía
que para a menciña da súa alma, sería bo que a
sometesen a tortura, pero o seu consello non prevaleceu.
O 24 de marzo, Jeanne foi levada ó camposanto de Saint-Ouen,
onde a fixeron subir a un cadafalso de xeso. Atopou cerca dela a Nicolás
Loyseleur que lle falaba á orella mentres que Guillaume Erart
lle predicaba. Cando a ameazaron co lume, púxose branca; o cóengo,
mentres que a sostiña, chiscóulle-lo ollo ós xuíces
e dixo: “Abxurará”. Guioulle a man para marcar cunha
cruz e un círculo o pergameo que lle tenderon. Despois acompañouna
baixo unha portiña baixa e acaricioulle os dedos:
—Miña Jeannette –díxolle–, fixeches
un bo día, gracias a Deus; salváche-la túa alma.
Jeanne, ten confianza en min, porque se queres hante liberarar. Colle
as túas roupas de muller, fai todo o que se che ordene; doutro
xeito estarás en perigo de morte. E se fa-lo que che digo, estarás
salvada, terás moito ben e non terás mal; senón
que estarás no poder da Igrexa.
O mesmo día, despois de cear, foi vela na súa nova prisión.
Era unha peza media do castelo á que se chegaba subindo oito
chanzos. Nicolás sentou sobre o leito cerca do que había
un gran madeiro unido a unha cadea de ferro.
—Jeannette. Ves como Deus e a Nosa Señora che fixeron unha
gran misericordia neste día, xa que te recibiron na graciante
misericordia da nosa Santa Nai Igrexa; haberá que obedecer humildemente
as sentencias e as ordenanzas dos xuíces e das persoas eclesiásticas,
abandona-las túas vellas imaxinacións e non volver nunca
a elas, senón a Igrexa abandonaríate para sempre. Colle,
velaquí, roupas honestas de muller decente; Jeannette, cóidaas
moito; e que che rapen ese pelo que che vexo e que está cortado
en redondo.
Catro días despois, Nicolás entrou silandeiro pola noite
no cuarto de Jeanne e rouboulle a camisa e a saia que lle dera. Cando
lle anunciaron que volvera colle-los seus hábitos de home:
—Vaites –dixo–, é relapsa e caída profundamente
no mal.
E na capela do arcebispado, repetiu as palabras do Doutor Gilles de
Duremort:
—Nós, xuíces, non podemos senón declarar
a Jeanne herética e abandonala á xustiza secular pregándolle
que sexa benévola con ela.
Antes de que a levasen ó gris camposanto, veu exhortala na compaña
de Mean Toutmouillé.
—Oh Jeannette –díxolle–, non agoches máis
a verdade; agora só debes pensar na salvación da túa
alma. Creme rapaciña: dentro dun momento, na asemblea, humillaraste
e farás, de xeonllos, a túa confesión pública.
Que sexa pública, Jeanne, humilde e pública, para a menciña
da túa alma.
E Jeanne pediulle que llo recordase, temendo que non se atrevería
diante de tanta xente.
El ficou para vela queimar. Foi entón cando a súa devoción
pola Virxe se manifestou visiblemente. Logo de oí-las chamadas
de Jeanne a Santa María, empezou a chorar ás cuncas. Tanto
o nome da Nosa Señora lle removía a alma. Os soldados
ingleses creron que se apiadara, fustrigárono e perseguírono
coa espada en alto. Se o conde de Warwick non estendese a man sobre
el, degolábano. Subiu con pena sobre un cabalo do conde e fuxiu.
Durante longos días errou polos camiños de Francia, sen
ousar volver a Normandía e teméndolle á xente do
rei. Ó cabo chegou a Basilea. Sobre a ponte de madeira, entre
as casas bicudas, cubertas de tellas estriadas en oxivas, e as pementeiras
azuis e amarelas, tivo de súpeto un cegamento fronte a luz do
Rhin; creu que afogaba, coma o monxe lúbrico, no medio da auga
verde que se arremuiñaba nos seus ollos; a palabra María
afogou na súa gorxa, e morreu cun salouco.
KATHERINE A PALILLEIRA
Moza amorosa
Naceu cara á metade do século quince, na rúa
da Pergamiñería, cerca da rúa Saint-Jacques, nun
inverno que fixo tanto frío que os lobos atravesaron París
correndo sobre a neve. Unha vella, que tiña o nariz vermello
baixo a carrapucha, recolleuna e criouna. E ó principio xogou
baixo os soportais con Perrenette, Guillemette, Ysabeau e Jehanneton,
que levaban refaixiños e afundían as súas manciñas
arroxadas nos regachos para pilla-los anacos de xeo. Tamén miraban
os caloteiros que enganaban ós paseantes co xogo de táboas
que lle chaman Saint-Merry. E baixo os tornachuvias axexaban as tripas
nas sellas, e as longas salchichas abaneando, e os grosos ganchos de
ferro nos que os carniceiros penduran os cuartos de carne. Preto de
Saint-Benoît le Bétourné, onde están as escribanías,
escoitaban renxe-las plumas, e, pola noite, apagaban as candeas no nariz
dos clérigos, soprando polas bufardas das tendas. No Petit-Pont,
amolaban ás arenqueiras e fuxían voando cara á
praza Maubert, agochábanse nos ángulos da rúa des
Trois Portes; despois, sentadas sobre o peitoril da fonte, tarabeleaban
ata a brétema da noite.
Así pasou a primeira mocidade de Katherine, antes de que a vella
lle ensinase a sentar diante dun alfineteiro e a entrecruzar pacientemente
os fíos de tódolos palillos. Máis tarde adornou
o seu oficio: Jehanneton facía carrapuchos, Perrenette era lavandeira
e Ysabeau facía luvas, e Guillemette, a máis leda, facía
salchichas, cunha cariña carmesí que relucía coma
se a fregasen con sangue fresco de porco. Polo que respecta ós
que xogaran ó Saint-Merry, empezaban xa outras empresas; algúns
estudiaban na montaña Sainte-Geneviève, e outros batían
as cartas no Trou-Perrette, e outros chocaban as xerras de viño
de Aunis na Pomme de Pin e outros rifaban na casa da Grosse Margot,
e cara ó mediodía víanse na entrada da taberna,
na rúa des Fèves, e cara á media noite, saían
pola porta da rúa des Juifs. En canto a Katherine, entretecía
os fíos do seu encaixe, e nos seráns do verán tomaba
o sereno no banco da igrexa, onde estaba permitido rir e parolar.
Katherine levaba unha chambra crúa e unha túnica de cor
verde; engaiolábana os atavíos, non odiaba nada tanto
coma a rodela que marca ás fillas cando non son de liñaxe
nobre. Amaba por igual os testóns, as moedas de prata, e sobre
todo os escudos de ouro. Isto foi o que fixo que se arrexuntase con
Casin Cholet, sarxento de varas do Châtelet; á sombra do
seu oficio, el gañaba cartos de malas maneiras. A miúdo,
ela ceaba na súa compaña na hospedaría da Mula,
fronte á igrexa dos Mathurins; e, despois de cear, Casin Cholet
ía roubar galiñas na parte de atrás dos fosos de
París. Levábaas debaixo do seu tabardo, e vendíaas
moi ben á Machecroue, viúva de Arnoul, fermosa vendedora
de aves na porta do Chatêlet.
Logo deixou Katherine o seu oficio de palilleira: pois a vella do nariz
vermello podrecía no osario dos Inocentes. Casin Cholet atopou
para a súa amiga un cuartiño baixo, preto das Trois Pucelles,
e ía vela alí no luscofusco. Non lle prohibía que
se amosase pola fiestra, cos ollos anegrados polo carbón, e as
fazulas untadas de albaialde, e tódalas potas, cuncas e pratos
de froita nos que Katherine ofrecía de beber e comer a tódolos
que pagaban ben foron roubados na Chaire, ou nos Cygnes, ou na pousada
do Plat d’étain. Casin Cholet desapareceu un día
que empeñara o vestido e o medio cinto de Katherine nas Trois-lavendières.
Os amigos da palilleira dixéronlle que lle bateran no fondo dunha
carreta e o botaran fóra de París, por orde do Preboste,
pola Porta Baudoyer. Non o viu máis; e soa, sen folgos para gaña-los
cartos, fíxose moza amorosa, e paraba en calquera sitio.
Ó primeiro, esperaba nas portas das hospedarías; e os
que a coñecían levábana detrás dos muros,
baixo o Chatêlet, ou contra o colexio de Navarra; despois, cando
fixo demasiado frío, unha vella compracente fíxoa entrar
nos baños, onde a acolleu a patroa. Viviu alí nun cuarto
de pedra, cuberto de canaveiras verdes. Deixáronlle o nome de
Katherine a palilleira, aínda que non palillara en absoluto.
Ás veces dábanlle a liberdade de pasear polas rúas,
coa condición de que volvese á hora na que a xente ten
costume de ir ós baños. E Katherine erraba diante das
tendas da luveira e da carrapucheira, e moitas veces botou moito tempo
envexando a cara sanguínea da salchicheira, que ría entre
as súas carnes de porco. Despois volvía ós baños,
que a patroa iluminaba no crepúsculo con velas que ardían
vermellas e fundían pesadamente tralos vidros negros.
Ó final Katherine cansou de vivir pecha nunha peza cadrada; escapou
polos camiños. E dende entón non foi máis parisiense,
nin palilleira; senón semellante ás que roldan ó
redor das vilas de Francia, sentadas nas pedras dos camposantos, para
dar pracer ós que pasan. Esas mociñas non teñen
máis nome có que convén á súa cara,
e Katherine tivo o nome de Fociños. Andaba polos prados, e polo
serán axexaba na beira dos camiños, e víase a súa
garatuxa branca entre as moreiras dos cerrumes. Fociños aprendeu
a atura-lo medo nocturno no medio dos mortos, cando os seus pés
tremelicaban ó rozaren as tumbas. Nin testóns, nin moedas
de prata, nin escudos de ouro; vivía pobremente de pan e queixo,
e da súa escudela de auga. Tivo amigos desgraciados que lle muiñaban
de lonxe: “¡Fociños!, ¡Fociños!”
E ela quíxoos.
A máis grande tristura tíñaa cando oía as
campás das igrexas e das capelas; porque Fociños lembraba
as noites de xuño nas que sentara, cun refaixo verde, sobre os
bancos dos soportais santos. Era no tempo en que envexaba os atavíos
das mulleres; agora xa non lle quedaban nin rodela nin carrapucho. Coa
testa descuberta, esperaba o seu pan, apoiada nunha basta lousa. E botaba
de menos as velas vermellas dos baños na noite do camposanto,
e as canaveiras da peza cadrada en vez da lama gorda na que se afundían
os seus pés.
Unha noite, un rufián que se facía pasar por home de guerra
cortoulle a gorxa a Fociños para roubarlle o cinto. Pero non
atopou bolsa ningunha.
ALAIN LE GENTIL
Soldado
Serviu ó rei Carlos VII dende a idade de doce anos, como arqueiro,
levárono homes de guerra na terra cha de Normandía. O
xeito no que o levaron foi tal que así. Mentres prendían
os celeiros, esfolaban as pernas dos labregos con coitelos de cinto,
e derrubaban as mozas nos catres rotos de cintas de coiro, o pequeno
Alain aniñárase nun vello pipo de viño desfondado
á entrada do lagar. Os homes de guerra viraron o pipo e atoparon
alí un mociño. Levárono con toda a camisa e o saio
esfarrapado. O capitán mandou que lle desen unha chaquetonciño
de coiro e un vello carrapucho que viña da batalla de Saint-Jacques.
Perrin Godin aprendeulle a tirar co arco e a cravar limpamente o cadriño
no branco. Pasou de Bordeos a Angulema e do Poitou a Bourges, viu Saint-Pourçain,
onde paraba o rei, franqueou as fronteiras da Lorena, visitou Toul,
volveu a Picardía, entrou en Flandres, atravesou Saint-Quintin
xirou cara a Normandía, e durante vintetrés anos percorreu
Francia en compañía armada, onde coñeceu ó
inglés Jehan Poule-Cras, que lle fixo sabe-la maneira de xurar
por Godón, Chiquerello o lombardo, que lle ensinou a cura-lo
lume de Santo Antonio, e á moza Ydre de Laon, que lle aprendeu
a baixar os calzóns.
En Ponteau de Mer, o seu compañeiro Bernard d’Anglades
persuadiuno de botare fóra das ordenanzas reais, asegurándolle
que os dous vivirían ó grande enganando ós parvos
cos dados trucados, que lles din “gourds”. Fixérono,
sen deixa-lo seu atavío, e finxían xogar, nas lindes dos
muros do camposanto, sobre un tamboril roubado. Un mal sarxento do provisor,
Pierre Empongnart, fixo que lle amosasen as sutilezas do xogo e díxolles
que non tardarían en prendelos: pero que cumpría xurar
con afouteza que eran clérigos, para escapar das xentes do rei
e reclama-la xustiza da igrexa, e, para iso, rapa-lo curuto da testa
e arrebolar rapidamente, en caso de necesidade, os seus colos esnaquizados
e as mangas de cor. Tonsurounos el mesmo, coas tesoiras consagradas,
e fíxolles remoe-los sete Salmos e o versículo Dominus
pars. Despois, cada un tirou polo seu lado, Bernard con Bietrix a craveira,
e Alain con Lorenete a candeeira.
Como Lorenete quería unha túnica de pano verde, Alain
axexou a taberna do Cabalo Branco en Lisieux, onde beberan unha xerra
de viño. Volveu pola noite ó xardín, fíxolle
un burato ó muro coa súa pica, e entrou na sala onde atopou
sete escudelas de estaño, unha carrapucha vermella e unha variña
de ouro. Jaquet le Grand, farrapeiro de Lisieux, cambiounas moi ben
por unha túnica como a quería Lorenete.
En Bayeux, Lorenete quedou nunha casiña pintada, onde disque
estaban os baños das mulleres, e a patroa dos baños, non
fixo máis que rir cando Alain le Gentil quixo recollela. Ela
volveuno levar á porta, coa candea nunha man e un pelouro na
outra, e preguntoulle se tiña gana de que lle fretase os fociños
con el para ver se faiscaba. Alain escapou, tirando a candea e sacoulle
do dedo á mulleriña o que lle pareceu unha variña
preciosa: pero só era de cobre dourado, cun pedrolo rosa falso.
Despois Alain foise vagabundear, e en Maubosson atopou, na hospedaría
do Papegaut, a Karandas, o seu compañeiro de armas, que comía
callos con outro home chamado Jehan Petit. Karandas aínda levaba
a súa lanza curta, e Jehan Petit tiña unha bolsa con agulletas
pendurando do cinto. A fibela do cinto era de prata fina. Despois de
beberen, discutiron entre os tres de iren a Senlis polo bosque. Puxéronse
en ruta polo serán e cando estiveron de cheo na fraga, sen luz,
Alain le Gentil foi máis a modo. Jehan le Petit ía diante.
E na escuridade, Alain deulle duro coa pica entre os ombreiros, mentres
Karandas lle afundía a lanza curta na testa. Caeu de fociños,
e Alain, colléndoo entre as pernas, cortoulle a gorxa coa súa
daga, de cabo a rabo. Despois atoáronlle o pescozo de follas
secas para que non houbese un lagoto de sangue no camiño. Apareceu
a lúa nunha clareira da fraga: Alain cortou a fibela do cinto
e desatou as agulletas da bolsa, na que había dezaseis moedas
de ouro e trinta e seis peciñas. Gardou o ouro e botoulle a bolsa
co miúdo a Karandas, polo esforzo, coa pica levantada. Alí
separáronse, no medio da clareira, Karandas botando xuramentos
no sangue de Deus.
Alain le Gentil non se atreveu a achegarse a Senlis e volveu por rodeos
ata a vila de Roñen. Cando acordou, despois da noite, baixo unha
sebe florida, viuse rodeado por xente a cabalo que lle amarraron as
mans e o levaron ás prisións. Preto do poxigo escapou
tralas ancas dun cabalo e correu á igrexa de Saint-Patrice, onde
se aloxou contra o altar maior. Os sarxentos non puideron pasar o pórtico.
Alain, en franquía, frecuentou libremente a nave e os coros,
viu fermosos cálices de rico metal e viñateiras boas para
fundir. E a noite seguinte tivo por compañeiros a Denisot e Marignon,
ladróns coma el. Marignon tiña unha orella cortada. Non
sabían qué comer. Envexaron os ratiños corricáns
que aniñaban entre as lousas e engordaban taniscando nas faragullas
do pan sagrado. A terceira noite tiveron que saír, comidos pola
fame. As xentes da xustiza prendéronos e Alain, que berraba que
era crego, esquecera arrinca-las mangas verdes.
Pediu de contado ir ó retrete, descoseu a chaqueta e meteu as
mangas na porcallada; pero os homes da cadea avisaron ó preboste.
Un barbeiro veu afeitarlle de todo a cabeza de Alain le Gentil para
borrarlle a tonsura. Os xuíces riron do pobre latín dos
seus salmos. Valeulle de pouco xurar que un bispo o confirmara dunha
labazada cando tiña dez anos: non puido acaba-los paternóster.
Interrogárono como lego no poldro pequeno e despois no poldro
grande. Ó lume das cociñas da prisión declarou
os seus crimes, cos membros todos esnogados polo estiramento das cordas
e a gorxa rota. O lugartenente do preboste pronunciou a sentencia sobre
as baldosas. Amarrárono ó carro, levárono á
forca e colgárono. O seu corpo púxose moreno ó
sol. O verdugo colleu a súa chaqueta, as súas mangas descosidas
e unha fermosa carrapucha de pano fino, forrada de marta cibelina, que
roubara nunha boa hospedaría.
GABRIEL SPENSER
Actor
A súa nai foi unha moza, chamada Flum, que tiña unha
saliña baixa ó fondo de Rotten-row, en Picked-hatch. Un
capitán, cos dedos cargados de xoias de cobre, e dous galáns,
vestidos con xibóns soltos, víñana ver despois
de cear. Aloxaba a tres señoritas, que tiñan por nome
Poll, Doll e Moll, e que non podían atura-lo cheiro do tabaco.
A causa diso subían a miúdo deitarse no leito, e uns cabaleiros
educados acompañábanas, despois de lles facer beber un
viño de España tépedo, co fin de disipa-los vapores
das pipas. O Gabrieliño quedaba aniñado ó abeiro
da cheminea para ver cómo se asaban as mazás que botaban
nas xerras de cervexa. Tamén ían alí actores coas
aparencias máis diversas. Non ousaban aparecer nas grandes tabernas
onde ían as compañías a soldo. Algúns falaban
ó xeito dos botaporela; outros farfallaban coma idiotas. Aloumiñaban
a Gabriel, que aprendeu deles anacos de versos de traxedia e bastas
brincadeiras de escena. Déronlle un anaco de pano carmesí,
cunha franxa desdourada, e mais unha máscara de veludo e un vello
puñal de madeira. Deste xeito desfilaba soíño diante
da lareira, brandindo un chamizo coma se fose un facho, e a súa
nai Flum facía abanea-la súa
triple papada da admiración que lle tiña ó seu
neno precoz.
Os actores levárono ó Pano Verde, en Shoreditch, onde
tremelicou diante dos accesos de rabia do comediantiño que facía
espumallos ouveando o papel de Xerónimo. Tamén se podía
ver alí o vello rei Lear, coa súa barba branca esfarrapada,
que se axeonllaba para lle pedir perdón á súa filla
Cordelia; un pallaso imitaba as tolemias de Tarleton, e outro envolto
nunha saba arrepiaba ó príncipe Hamlet. Sir John Oldcastle
facía rir a todo o mundo co seu gran bandullo, sobre todo cando
collía pola cintura á taberneira que lle deixaba engurrarlle
a punta do gorro e escorre-los dedos gordos na bolsa de entreforro que
levaba atada á cintura. O Tolo cantaba cancións que o
Parvo non comprendía nunca, e un pallaso cun gorro de algodón
sacaba seguido a testa por entre o pano fendido, ó fondo do estrado,
para facer acenos. Había ademais un malabarista con monos e un
home vestido de muller, que no maxín de Gabriel semellaba a súa
nai Flum. Ó final das pezas, os bedeis cos bastóns viñan
pórlle unha roupa azul escuro e berraban que o ían levar
a Bridewell.
Cando Gabriel tivo quince anos, os actores do Pano Verde decatáronse
de que era fermoso e delicado e que podería interpreta-los papeis
de mulleres e de mozas. Flum peiteáballe os cabelos negros botándollos
cara a atrás; tiña a pel moi fina, os ollos grandes, as
cellas altas, e Flum furáralle as orellas para pendurar delas
dúas perlas falsas dobres. Entrou pois na compañía
do duque de Nottingham, e fixéronlle roupas de tafetá
e de damasco, con abelorios, de pano de prata e de pano de ouro, corsés
con lazos e perrucas de cánabo con longos rizos. Ensináronlle
a pintarse na sala de ensaio. Primeiro arrubiou ó subir ó
estrado; despois fixo melindres para responder ás galanterías.
Poll, Doll e Moll, que viñeran con Flum, toda atarefada, declararon
con grandes risas que era xustiño unha muller e quixéronlle
desface-los lazos despois da obra. Levárono a Picked-hatch, e
a súa nai fíxolle pór un deses vestidos para amosalo
ó capitán, que lle fixo mil burlas e lle puxo no dedo
un anel ruín de cobre dourado no que estaba engastado un carbuncho
de vidro.
Os mellores camaradas de Gabriel Spenser eran William Bird, Edward Juby
e os dous Jeffes. Estes empezaron, un verán, a ir actuar nos
burgos do campo con actores errantes. Viaxaron nun carro cuberto cun
toldo, onde durmían pola noite. No camiño de Hammersmith,
un serán, viron saír do foso un home que lles puxo diante
o canón dunha pistola.
—¡Os cartos! –dixo–. Son Gamaliel Ratsey, pola
gracia de Deus ladrón de camiños, e non me gusta esperar.
Ó que os dous Jeffes responderon xemendo:
—Non temos un can, Vosa Mercé, senón estes abelorios
de cobre e estas pezas de camelote tinxido, e somos pobres actores errantes
coma a Vosa Señoría mesma.
—¿Actores? –exclamou Gamaliel Ratsey–. Velaí
algo admirable. Non son un pillo nin un moinante, e son amigo dos espectáculos.
Se non tivese un certo respecto polo vello Derrick, que ben sabería
arrastrarme á escada e facerme arrola-la cabeza, non deixaría
a beira do río, e as ledas tabernas de bandeirolas, onde vós,
cabaleiros meus, tedes costume de amosar tanto espírito. Sede
benvidos. O serán é fermoso. Montade o escenario e interpretádeme
o voso mellor espectáculo. Gamaliel Ratsey escoitaravos. Non
é normal. Poderedes contalo.
—Imos gastar candeas –dixeron, timidamente, os dous Jeffes.
—¿Candeas? –dixo, nobremente, Gamaliel–. ¿Que
me falades de candeas? Eu son aquí o rei Gamaliel, como Elizabeth
é raíña na cidade. E tratareivos coma un rei. Velaí
corenta xilíns.
Os actores baixaron, tremelicando.
—Como lle preste á Vosa Maxestade –dixo Bird–.
¿Que hai que interpretar?
Gamaliel reflexionou e mirou a Gabriel.
—Vaites –dixo–. Unha fermosa peza para esta señorita,
e ben melancólica. Ha estar meiga coma Ofelia. Hai dedaleiras
preto de aquí, verdadeiros dedos de morto. Hamlet, velaí
o que quero. Gústanme dabondo os humores desa composición.
Se non fose Gamaliel, interpretaría de boa gana Hamlet. ¡Veña,
e non vos equivoquedes nos toques de esgrima, meus excelentes troianos,
meus valentes corintios!
Acenderon as lanternas. Gamaliel considerou o drama con atención.
Despois da fin díxolle a Gabriel Spenser:
—¡Fermosa Ofelia, dispénsote de cumprimentos. Podedes
partir, actores do rei Gamaliel. A súa Maxestade está
satisfeita.
Despois desapareceu na sombra.
Cando o carro se puña en marcha, á alba, vírono
de novo bloqueando o camiño, coa pistola na man.
—Gamaliel Ratsey, ladrón de camiños –dixo–,
vén recolle-los corenta xilíns do rei Gamaliel. Veña,
rápido. Gracias polo espectáculo. Decididamente, os humores
de Hamlet prácenme infinitamente. Fermosa Ofelia, ten toda a
miña cortesía.
Os dous Jeffes, que gardaban o diñeiro, déronllo á
forza. Gamaliel saudou e foise ó galope.
Logo desta aventura, a compañía entrou en Londres. Dicían
que un ladrón houbera raptar a Ofelia vestida e con perruca.
Unha moza chamada Pat King, que viña a miúdo ó
Pano Verde, afirmou que non a sorprendera nada. Tiña a cara graxa
e a cintura redonda. Flum invitouna, para que coñecese a Gabriel.
Ela atopouno xeitoso e bicouno con agarimo. Despois volveu a miúdo.
Pat era a amiga dun obreiro que facía ladrillos, que aborrecía
o seu oficio e tiña a ambición de actuar no Pano Verde.
Chamábase Ben Jonson, e estaba moi orgulloso da súa educación,
era clérigo e sabía algo de latín. Era un home
grande e cadrado, cosido de escrófulas, e tiña o ollo
dereito máis alto có esquerdo. Tiña a voz forte
e rascada. Este coloso fora soldado nos Países Baixos. Seguiu
a Pat King, colleu a Gabriel pola pel do pescozo e arrastrouno ós
campos de Hoxton, onde o pobre Gabriel tivo que facerlle fronte cunha
espada na man. Flum pasáralle discretamente unha folla dez polgadas
máis longa. Entrou no brazo de Ben Johnson. A Gabriel atravesoulle
o pulmón. Morreu na herba. Flum correu chama-los gardas. Levaron
a Ben Johnson xurando a Newgate. Flum esperaba que o colgasen. Pero
recitou os seus salmos en latín, fixo ver que era clérigo
e só lle marcaron a man cun ferro ó roxo.
POCAHONTAS
Princesa
Pocahontas era a filla do rei Powhatan, que sentaba nun trono feito
á maneira dun leito, e cuberto cun gran saio cosido de peles
de rato coas colas pendurando. Educárona nunha tenda de esteiras,
entre sacerdotes e mulleres que tiñan a cabeza e os ombreiros
pintados de vermello vivo e que a divertían con axóuxeres
de cobre e ruxerruxes de serpente. Namontak, un servidor fiel, miraba
pola princesa e organizaba os seus xogos. Ás veces levábana
á fraga ó lado do gran río Rappahanok, e trinta
virxes espidas bailaban para entretela. Estaban pintadas de distintas
cores e cinxían follas verdes, levaban na testa cornos de cabrón
e unha pel de lontra na cintura, e axitando unhas mazas, saltaban arredor
do lume que crepitaba. Cando acababan a danza espallaban as chamas e
guiaban a princesa á luz dos tizóns.
No ano de 1607 os europeos perturbaron o país de Pocahontas.
Cabaleiros arruinados, estafadores e buscadores de ouro arribaron á
beira do Potomac, e construíron chabolas de táboas. Déronlles
ás chabolas o nome de Jamestown, e chamáronlle á
colonia Virxinia. Virxinia só foi, durante eses anos, un pequeno
forte miserento construído na baía de Chesapeake, no medio
dos dominios do gran rei Powhatan. Os colonos elixiron presidente o
capitán John Smith, que xa correra aventuras en tempos pasados
deica a terra dos turcos. Vagabundeaban polas rochas e vivían
dos moluscos do mar e do pouco trigo que podían obter por tráfico
cos indíxenas.
Recibíronos primeiro con gran cerimonia. Un sacerdote salvaxe
veu tocar diante deles unha frauta de carrizos, cunha coroa de pelo
de gamo tinxida de vermello e aberta coma unha rosa arredor dos seus
cabelos atados. Levaba o corpo pintado de carmesí, a cara de
azul; e tiña a pel sementada de pintas de prata nativa. Deste
xeito, coa cara impasible, sentou nunha esteira e fumou unha pipa de
tabaco.
Despois, outros formaron en columna cadrada, pintados de negro, e de
vermello, e de branco, e algúns de varias cores, cantando e bailando
diante do seu ídolo Oki, feito de peles de serpente recheas de
musgo e adornadas con cadeas de cobre.
Pero poucos días despois asaltaron de súpeto e ataron
ó capitán Smith cando exploraba a beira nunha canoa. Levárono
entre terribles ouveos a unha casa longa onde o gardaron corenta salvaxes.
Os sacerdotes, cos ollos pintados de vermello e as caras negras atravesadas
por grandes barras brancas, rodearon con dous regueiros circulares de
fariña e de grans de trigo o lume da casa de garda. Acto seguido
conduciron a John Smith á tenda do rei. Powhatan levaba o seu
saio de pel e os que estaban arredor del tiñan o cabelo decorado
con penuxe. Unha muller levoulle ó capitán auga para lavarlle
as mans e outra secoullas cunha mata de plumas. Namentres, dous xigantes
vermellos depositaron dúas pedras chas ós pes de Powhatan.
E o rei ergueu a man, significando que ían deitar a John Smith
sobre esas pedras e escacharlle a testa a mazazos.
Pocahontas só tiña doce anos e adiantaba a cabeza por
entre os conselleiros enzoufados. Xemeu, botouse sobre o capitán
e puxo a cabeza sobre a súa fazula. John Smith tiña vintenove
anos. Tiña uns bigotazos dereitos, a barba en abanico, e a faciana
aquilina. Dixéronlle que o nome da rapaciña do rei que
lle salvaba a vida era Pocahontas. Pero ese non era o seu nome verdadeiro.
O rei Powhatan fixo a paz con John Smith e deixouno ceibo.
Un ano mais tarde o capitán Smith estaba acampado coa súa
tropa na selva fluvial. A noite era mesta. Unha chuvia penetrante abatía
calquera ruído. De súpeto, Pocahontas tocoulle o ombro
ó capitán. Atravesara, soa, as terribles tebras dos bosques.
Díxolle polo baixo que o seu pai quería atacar ós
ingleses e matalos mentres estaban ceando. Suplicoulle que fuxise se
lle interesaba seguir vivindo. O capitán Smith ofreceulle vidros
e teas, pero ela chorou e respondeulle que non se atrevía. E
escapou, soa, cara ó bosque.
O ano seguinte o capitán Smith caeu en desgracia cos colonos
e, en 1609 embarcárono para Inglaterra. Alí compuxo libros
sobre Virxinia nos que explicaba a situación dos colonos e as
súas aventuras. Cara a 1612 un tal capitán Argall, que
fora comerciar cos Potomacs (que eran o pobo de rei Powhatan), secuestrou
por sorpresa a princesa Pocahontas e pechouna nun barco coma refén.
O rei, seu pai, indignouse; pero non lla devolveron. Deste xeito languideceu
prisioneira ata o día en que un cabaleiro de boas maneiras se
namorou dela e desposouna. Casaron en abril de 1613. Din que Pocahontas
lle confesou o seu amor a un seu irmán que a veu ver. Chegou
a Inglaterra no mes de xuño de 1616, onde houbo, entre as persoas
de calidade, unha gran curiosidade por coñecela. A boa raíña
Anne acolleuna docemente e ordenou que gravasen o seu retrato.
O capitán John Smith, que ía volver para Virxinia, veulle
presenta-los seus respectos antes de embarcar. Non a vira desde 1608.
Ela tiña vintedous anos. Cando entrou, apartou a cara e escondeuna
entre as mans, e non lles respondeu nin ó marido nin ós
amigos e quedou soa durante dúas ou tres horas. Despois chamou
polo capitán. Entón ergueu os ollos e díxolle:
—Vostede prometéralle a Powhatan que o que fose de vostede
sería del, e el fixo o mesmo; cando vostede era estranxeiro na
súa patria, chamáballe pai; agora que son estranxeira
na vosa, chamareille a vostede así.
O capitán Smith escusouse pola etiqueta, porque era filla de
rei.
Ela respondeu:
—Vostede non tivo medo de vir ó país do meu pai,
e asustouno, a el e a roda a súa xente, menos a min: ¿temerá
vostede logo que aquí lle chame meu pai?. Eu chamareille meu
pai e vostede chamarame miña nena, e serei para sempre da mesma
patria que vostede... Aló dixéranme que morrera...
E confioulle baixiño a Smith que o seu nome era Matoaka. Os indios,
temendo que a colleran cun maleficio, déronlles ós estranxeiros
o falso nome de Pocahontas.
John Smith partiu para Virxinia e non volveu ver xamais a Matoaka. Ela
caeu enferma en Gravesand ó principio do ano seguinte, esvaecéuselle
a cor e morreu. Non tiña vintetrés anos.
O seu retrato está rodeado por este exergo: Matoaka alias Rebecca
filia potentissimi principis Powhatani imperatoris Virginiae. A pobre
Matoaka tiña un chapeo de feltro alto, con dúas grilandas
de perlas; unha gran gola de encaixe amidonado e sostiña un abanico
de plumas. Tiña o rostro enfraquecido, os pómulos longos
e grandes ollos doces.
CYRIL TOURNEUR
Poeta tráxico
Cyril Tourneur naceu da unión dun deus descoñecido cunha
prostituta. Atopámo-la proba da súa orixe divina no ateísmo
heroico baixo o que sucumbiu. A nai transmitiulle o instinto da revolución
e da luxuria, o medo á morte, o tremor da voluptuosidade e o
odio dos reis; tivo do pai o amor a coroarse, o orgullo de reinar, e
a ledicia de crear; os dous déronlle o sentido da noite, da luz
vermella e do sangue.
Ignórase a data do seu nacemento; pero apareceu nun día
negro, baixo un ano pestilente.
Ningunha protección celeste velou sobre a filla namorada que
quedou preñada dun deus, pois tivo o corpo manchado pola peste
algúns días antes de dar a luz, e marcaron a porta da
súa casa cunha cruz vermella. Cyril Tourneur veu ó mundo
ó son da campá do enterrador dos mortos; e como seu pai
desaparecera no ceo común dos deuses, un carriño verde
arrastrou a súa nai á fosa común dos homes. Contan
que as tebras eran tan fondas que o enterrador tivo que alumea-la apertura
da casa pechada cun fachón de resina; outro cronista asegura
que a néboa sobre o Támesis (no que a casa mollaba os
pés) raiouse de escarlata, e que da cara da campá da chamada
escapou a voz dos cinocéfalos; en fin, parece fóra de
dúbida que se manifestou unha estrela flamexante e furiosa por
riba do triángulo do teito, feita de raios feluxentos, tortos,
mal anoados, e que o neno acabado de acer amosoulle o puño por
unha bufarda, mentres ela sacudía sobre el os rizos informes
de lume. Deste xeito entrou Ciryl Tourneur “en la vasta concavida
de la noche cimeria”.
É imposible descubri-lo que pensou ou o que fixo ata a idade
de trinta anos, cáles foron os síntomas da súa
divindade latente, cómo se persuadiu da súa propia realeza.
Unha nota escura e aterrada contén a lista das súas blasfemias.
Declaraba que Moisés non fora máis que un malabarista
e que un que lle chamaban Heriots era máis hábil ca el.
Que o primeiro principio da relixión non era outro senón
mante-los homes no terror. Que Cristo merecía máis a morte
que Barrabás, aínda que Barrabás fora ladrón
e asasino. Que se el se decidise a escribir unha nova relixión,
había establecela sobre un método máis excelente
e admirable, e que o Novo Testamento era dun estilo repugnante. Que
tiña tanto dereito a acuñar moeda coma a raíña
de Inglaterra, e que coñecía a un tal Poole, preso en
Newgate, ben experto na mestura de metais, coa axuda do que pretendía
un día acuñar ouro coa súa imaxe. Unha alma piadosa
tachou do pergamiño outras afirmacións máis terribles.
Pero estas palabras foron recollidas por unha persoa vulgar. Os xestos
de Ciryl Tourneur indican un ateísmo máis vindicativo.
Represéntano vestido cun longo manto negro, levando na testa
unha gloriosa coroa de doce estrelas, co pé sobre o globo celeste,
erguendo o globo terrestre na súa man dereita. Percorría
as rúas nas noites de peste e de treboada. Era pálido
coma os cirios consagrados e os seus ollos escintilaban brandamente
coma os queimadores de incenso. Algúns afirman que tiña
sobre o flanco dereito a marca dun selo extraordinario; pero foi imposible
verificalo trala súa morte, porque ninguén viu os seus
despoxos.
Fixo a súa amante dunha prostituta do Bankside, que frecuentaba
as rúas da beira da auga, e amouna unicamente. Ela era moi nova
e a súa cara era inocente e loura. As roibéns aparecían
nela coma chamas vacilantes. Ciryl Tourneur deulle o nome de Rosamonde,
e tivo dela unha filla que amou. Rosamonde morreu traxicamente, un príncipe
fixárase nela. Sábese que bebeu nunha copa transparente
un veleno cor esmeralda.
Foi entonces cando a vinganza na alma de Ciryl se mesturou co orgullo.
NoCyril Tourneururno, percorreu o Mail, todo ó longo do cortexo
real, sacudindo na súa man un fachón de crina inflamada,
para alumear ó príncipe envelenador. O odio a toda autoridade
subiulle á boca e ás mans. Fíxose axexador de camiños,
non para roubar senón para asasinar reis. Os príncipes
que desapareceron neses tempos foron iluminados polo fachón de
Ciryl Tourneur e asasinados por el.
Emboscábase polos camiños da raíña, preto
dos pozos de grava e dos fornos de cal. Elixía a súa víCyril
Tourneurima na tropa, ofrecíaselle a darlle luz nas frondes,
levábaa deica a boca do pozo, apagaba a facho e precipitábaa.
A grava chovía trala caída. Despois Ciryl, inclinado sobre
a beira, facía caer dúas enormes pedras para esmaga-los
berros. E o resto da noite, velaba o cadáver que se consumía
no cal, preto do pozo vermello escuro.
Cando Ciryl Tourneur saciou o seu odio polos deuses, o odio dos deuses
estreitouno. O aguillón divino que tiña nel excitouno
a crear. Soñou que podía crear unha xeración no
seu propio sangue, e propagarse coma un deus na terra. Mirou a súa
filla e atopouna virxe e desexable. Para levar a cabo o seu designio
fronte ó ceo non atopou outro lugar máis significativo
que un cemiterio. Xurou desafia-la morte e crear unha nova humanidade
no medio da destrucción fixada polas ordes divinas. Rodeado de
vellos osos, quixo xear novos osos. Ciryl Tourneur posuíu a súa
filla no cuberto dun osario.
A fin da súa vida pérdese nunha radiación escura.
Non se sabe qué man transmitiu a Traxedia do ateo e a Traxedia
do Vingador. Unha tradición pretende que o orgullo de Ciryl Tourneur
ergueuse aínda máis. Fixo alzar un trono no seu xardín
negro, e tiña o hábito de sentar nel, coroado de ouro,
baixo o lóstrego. Moitos vírono e escaparon, aterrados
polas longas plumas azulentas que volteaban ó redor da súa
cabeza. Lía un manuscrito dos poemas de Empédocles, que
ninguén volveu ver. Expresou a miúdo a súa admiración
pola morte de Empédocles. E o ano no que desapareceu foi de novo
pestilente. O pobo de Londres retirárase ás barcas amarradas
á beira do Támesis. Un meteoro aterrador evolucionou sobre
a lúa. Era un globo de lume branco, animado por unha sinistra
rotación. Dirixiuse cara á casa de Cyril Tourneur, que
parecía pintada de reflexos metálicos. O home vestido
de negro e coroado de ouro esperaba sobre o seu trono a chegada do meteoro.
Houbo, como antes das batallas teatrais, unha alarma escura de trompetas.
A Cyril Tourneur envolveuno un resplandor feito de sangue rosa volatilizado.
Unhas trompetas, alzadas na noite, soaron, coma no teatro, unha fanfarra
fúnebre. Así foi precipitado Cyril Tourneur cara a un
deus descoñecido no taciturno remuíño do ceo.
WILLIAM PHIPS
Pescador de tesouros
William Phips naceu en 1651 preto da embocadura do río Kennebec,
entre os bosques fluviais onde os constructores de naves viñan
corta-la madeira. Nun pobre poboado do Maine soñou pola primeira
vez unha fortuna venturosa, cando miraba cómo facían as
pranchas mariñas. O incerto resplandor do océano que bate
Nova Inglaterra levoulle o escintileo do ouro afundido e da prata afogada
baixo as areas. Creu na riqueza do mar e desexou obtela. Aprendeu a
construír barcos, gañou unha pequena comodidade e veuse
para Boston. A súa fe era tan forte que repetía: “Un
día mandarei un barco do rei e terei unha fermosa casa de ladrillos
en Boston, na Avenida Verde.”
Naquel tempo xacían no fondo do Atlántico moitos galeóns
españois cargados de ouro. Ese rumor enchía a alma de
William Phips. Soubo que un gran barco afundira preto do Puerto de la
Plata; reuniu canto posuía e partiu para Londres, co obxecto
de equipar unha nave. Asediou ó Almirantado con peticións
e plácets. Déronlle o Rosa de Alxer, que levaba dezaoito
canóns e, en 1687, izou velas cara ó descoñecido.
Tiña trinta e seis anos.
Noventa e cinco homes partían a bordo do Rosa de Alxer, entre
os que había un contramestre, Adderley, de Providence. Cando
souberon que Phips se dirixía cara a Hispaniola, non aturaron
coa ledicia. Pois Hispaniola era a illa dos piratas e o Rosa de Alxer
parecíalles unha boa nave. E primeiro, nunha terra areosa do
arquipélago, reuníronse en consello para facerse cabaleiros
de fortuna. Phips, na proa do Rosa de Alxer espiaba o mar. Había
unha avaría na carena. Mentres o carpinteiro a amañaba
escoitou o complot. Correu á cabina do capitán. Phips
ordenoulle carga-los canóns, apuntounos sobre a tripulación
amotinada en terra, deixou tódolos homes pillados nesa guarida
deserta, e partiu con algúns mariñeiros devotos. O contramestre
de Providence, Adderley, gañou o Rosa de Alxer a nado.
Arribaron a Hispaniola co mar calmo, baixo un sol abrasador. Phips informouse
en tódalas praias sobre o navío que afundira máis
de medio século antes fronte ó Puerto de la Plata. Un
vello español acordábao e indicoulle o arrecife. Era un
escollo alongado, redondeado, as pendentes do cal desaparecían
na auga clara deica o tremor máis profundo. Adderley, inclinado
sobre a borda, ría mirando os pequenos movementos das ondas.
O Rosa de Alxer rodeou a modo o arrecife, e tódolos homes examinaban
en van o mar transparente. Phips daba patadas sobre o castelo, entre
as dragas e os garfos. Unha vez máis o Rosa de Alxer rodeou o
arrecife, e en tódolos sitios o solo parecía semellante,
cos seus sucos concéntricos de area húmida e os feixes
de algas inclinadas que tremían baixo as correntes. Cando o Rosa
de Alxer comezou a súa terceira volta o sol afundiuse e o mar
fíxose negro.
Despois foi fosforescente. “¡Velaí os tesouros!”,
berraba Adderley na noite, co dedo tendido cara ó ouro fumeante
das ondas. Pero a aurora cálida ergueuse sobre o océano
tranquilo e claro mentres o Rosa de Alxer seguía a percorre-la
mesma órbita. E durante oito días navegou así.
Os ollos dos homes estaban turbios de tanto escruta-la limpeza do mar.
Phips xa non tiña máis provisións. Cumpría
partir. Deuse a orde, e o Rosa de Alxer púxose a virar. Entón
Adderley notou nun flanco do arrecife unha fermosa alga branca que vacilaba
e tivo gana dela. Un indio botouse ó mar e arrancouna. Levouna,
pendurando dereita. Era moi pesada e as súas raíces ensarilladas
parecían apertar un croio. Adderley sopesouna e bateu as raíces
contra a ponte para liberala do seu peso. Algo escintilante rodou baixo
o sol. Phips botou un berro. Era un lingote de prata que ben valía
300 libras. Adderley abaneaba estupidamente a alga branca. Tódolos
indios botáronse ó mar de contado. Nunhas horas a tilla
estaba cuberta de sacos duros, petrificados, con incrustacións
calcarias e cubertos de conchiñas. Abríronlle-lo bandullo
con cortafríos e martelos e polos buratos escorregaron lingotes
de ouro e de prata e pezas de a oito. “¡Loado sexa Deus!”,
Berrou Phips, “¡Fixemos fortuna!” O tesouro valía
trescentas mil libras esterlinas. Adderley repetía: “¡E
todo isto saíu da raíz dunha alguiña branca!”
Morreu tolo, nas Bermudas, algúns días despois, balbucindo
palabras.
Phips escoltou o seu tesouro. O rei de Inglaterra fíxoo sir William
Phips e nomeouno High Sheriff en Boston. Alí mantivo a súa
quimera e mandou construír unha fermosa casa de ladrillos vermellos
na Avenida Verde. Fíxose un home considerable. Foi el o que dirixiu
a campaña contra as posesións francesas e tomóulle-la
Acadia ó Sr. de Beneval e ó cabaleiro de Villebon. O rei
nomeouno gobernador de Massachusetts, capitán xeral do Maine
e da Nova Escocia. As súas arcas estaban cheas de ouro. Emprendeu
o ataque a Quebec, despois de recadar todo o diñeiro dispoñible
en Boston. A empresa fracasou e a colonia arruinouse. Entón Phips
emitiu papel moeda. Para aumenta-lo seu valor cambiou polo papel todo
o seu ouro líquido. Pero a fortuna virara. O curso do papel baixou.
Phips perdeu todo, quedou pobre, endebedado, e os seus inimigos axexábano.
A súa prosperidade só durara oito anos. Marchou a Londres,
miserable, e cando desembarcou prendérono por 20.000 libras a
causa da denuncia de Dudley e Brenton. Os sarxentos transportárono
á prisión de Fleet.
Pecharon a Sir William Phips nunha cativa cela núa. Só
gardara o lingote de prata que lle dera a súa gloria, o lingote
da alga branca. Estaba abraiado pola febre e a desesperación.
A morte foille á gorxa. Loitou. Mesmo entón asediábao
o seu soño de tesouros. O galeón do gobernador español
Bobadilla, cargado de ouro e de prata, afundira preto das Bahamas. Phips
mandou busca-lo alcaide. A febre e maila esperanza furiosa descarnárano.
Presentoulle ó xefe o lingote de prata na man seca e barballou
rosmando:
—Deixen que me bote ó mar, velaquí un dos lingotes
de Bobadilla.
Despois expirou. O lingote da alga branca pagou o seu cadaleito.
O CAPITÁN KID
Pirata
Non se chega a un acordo sobre a razón que fixo que lle desen
a este pirata o nome do cabrito (Kid). O acto polo que Guillerme III,
rei de Inglaterra, o investiu coa comisión da galera Aventura,
en 1695, empeza coas verbas: “Ó noso fiel e ben amado capitán
William Kid, comandante, etc. Salve.” Mais é seguro que
dende entón foi un nome de guerra. Uns din que tiña hábito,
sendo elegante e refinado, de levar sempre, á loita e nas manobras,
delicadas luvas de cabrito có interior de encaixe de Flandres;
outros aseguran que nas súas peores matanzas, exclamaba: “Eu,
que son doce e bo coma un cabritiño acabado de nacer”;
outros máis pretenden que pechaba o ouro e as xoias en bolsas
moi flexibles, feitas de pel de cabrita, e que o costume lle viña
do día no que pillou un navío cargado de azougue co que
encheu mil bolsas de coiro, que aínda están enterradas
a carón dun outeiriño nas illas Barbados. Basta saber
que o seu pavillón de seda negra tiña bordada unha caveira
e un cranio de cabrito, e que o seu selo tiña o mesmo gravado.
Os que buscan os numerosos tesouros que agochou nas costas dos continentes
de Asia e de América levan diante un cabritiño negro,
que ten que xemer no sitio no que o capitán afundiu o seu botín;
pero ninguén o conseguiu. O mesmo Barbanegra, ó que informara
un vello mariñeiro de Kid, Gabriel Loff, só atopou nas
dunas, sobre as que hoxe está construído Fort Providence,
unhas pingotas dispersas de azougue exsudando a través das areas.
E todas esas escavacións son inútiles, pois o capitán
Kid declarou que os seus agochos serían descoñecidos eternamente
por causa do “home coa sella sanguenta”. En efecto, a Kid
asediouno ese home durante toda a súa vida, e os tesouros de
Kid asédiaos e deféndeos el despois da súa morte.
Lord Bellamont, gobernador das Barbados, incomodado polo enorme botín
dos piratas nas Indias Occidentais, equipou a galera Aventura, e obtivo
do rei a comisión de comandante para o capitán Kid. Kid
levaba moito tempo celoso do famoso Ireland, que pillaba tódolos
convois; prometeulle a Lord Bellamont que apresaría a súa
chalupa e a traería xunto cos seus compañeiros para facelos
executar. A Aventura levaba trinta canóns e cento cincuenta homes.
Primeiro Kid tocou Madeira e forneceuse de viño; despois Boavista,
para embarcar sal; e finalmente Santiago, onde se aprovisionou completamente.
E dende alí izou velas cara á entrada do Mar Vermello,
onde, no Golfo Pérsico, hai un lugar dunha insuíña
que se chama a Chave de Bab.
Alí foi onde o capitán Kid reuniu os seus compañeiros
e lles fixo iza-lo pavillón negro coa cabeza de morto. Todos
xuraron, sobre a machada, obediencia absoluta ás regras dos piratas.
Cada home tiña dereito ó voto, e igual título para
as provisións frescas e os licores fortes. Os xogos de cartas
e de dados estaban prohibidos. As luces e as candeas tiñan que
estar apagadas ás oito do serán. Se un home quería
beber máis tarde, bebía na ponte, na noite, a ceo aberto.
A compañía non recibiría nin muller nin mociño.
Quen os introducise disfrazados recibiría pena de morte. Os canóns,
as pistolas e mailos machetes tiñan que ser coidados e abrillantados.
As discusións libraríanse en terra, a sabre e a pistola.
O capitán e o cabo terían dereito a dúas partes,
o contramestre, o bosseman e o canoneiro, a unha e media, os outros
oficiais a unha e cuarto. Descanso para os músicos o día
do Sabbat.
A primeira nave que atoparon era holandesa, mandada polo Schlipper Mitchel.
Kid alzou o pavillón francés e deulle caza. A nave logo
mostrou as cores francesas, co que o pirata berrou en francés.
O Schipper tiña un francés a bordo, que respondeu. Kid
preguntoulle se levaba un pasaporte. O francés dixo que si: “Pois
ben, por Deus”, respondeu Kid, “en virtude deste pasaporte
eu tómovos polo capitán desta nave.” E de contado,
fixo penduralo da verga. Despois fixo vir ós holandeses un a
un.
Interrogounos, e, finxindo non coñecer en absoluto o flamengo,
ordenou para cada prisioneiro: “¡francés, á
prancha!” Amarraron unha prancha ó botaló. Tódolos
holandeses correron por ela, espidos, diante da punta do machete do
bosseman, e saltaron ó mar.
Nese intre o canoneiro do capitán Kid, Moor, alzou a voz: “Capitán”,
berrou, “¿por que mata eses homes? Moor estaba borracho.
O capitán virouse e, collendo unha sella soltoulla na testa.
Moor caeu co cranio fendido. O capitán Kid fixo lava-la sella,
á que se pegaran os cabelos con sangue callado. Ningún
home da tripulación volveu mollar nela a labaza. Deixaron a sella
amarrada á borda.
Dende ese día, o home da sella asediou ó capitán
Kid. Cando colleu o barco moro Queda, tripulado por hindús e
armenios, con dez mil libras de ouro, no reparto do botín o home
coa cubeta sanguenta estaba sentado sobre os ducados, Kid viuno ben
e botou un xuramento. Baixou á súa cabina e baleirou unha
cunca de bambú. Despois, de volta na ponte, fixo bota-la vella
sella ó mar. Na abordaxe do rico mercante o Mocco, non atoparon
con qué medi-las partes de po de ouro do capitán. “Enche
unha sella”, dixo unha voz ás costas de Kid. El cortou
o aire co machete e enxugou os beizos, que botaban espuma. Despois fixo
colga-los armenios. Os homes da tripulación semellaban non ter
escoitado nada. Cando Kid atacou a Hirondelle deitouse na súa
liteira tralo reparto. Cando acordou sentiuse enchoupado en suor, e
chamou a un mariñeiro para que lle trouxese con qué lavarse.
O home tróuxolle auga nunha cubeta de estaño. Kid fitouno
e berrou: “¿Esa é forma de comportarse cun cabaleiro
de fortuna? ¡Miserable! ¡Tráesme unha cubeta chea
de sangue!” O mariñeiro escapou. Kid fixo que o desembarcasen
e abandonouno, cun fusil, unha botella de pólvora e unha botella
de auga. Non tivo outra razón para enterra-lo seu botín
en diferentes lugares solitarios, entre as areas, que a persuasión
na que estaba de que tódalas noites o canoneiro asasinado viña
baleira-la bolsa do ouro coa súa sella para bota-las riquezas
ó mar.
A Kid prendérono, mar a fóra, fronte a New York. Lord
Bellamont enviouno a Londres. Condenárono ó patíbulo.
Colgárono no peirao de Execución, coa súa chaqueta
vermella e as súas luvas. No intre no que o verdugo lle puña
sobre os ollos o gorro negro, o capitán Kid debateuse e berrou:
“¡Deus! Xa sabía que me ía mete-la sella na
cabeza!” O cadáver negrexado quedou amarrado nas cadeas
durante máis de vinte anos.
WALTER KENNEDY
Pirata analfabeto
O capitán Kennedy era irlandés e non sabía nin
ler nin escribir. Chegou ó grao de lugartenente, baixo o gran
Roberts, polo talento que tiña na tortura. Posuía perfectamente
a arte de torcer unha mecha arredor da fronte dun prisioneiro ata facerlle
saí-los ollos, ou de acariciarlle a cara con follas de palmeira
ardendo. A súa reputación consagrouse no xuízo
que se lle fixo, a bordo do Corsario, a Darby Mullin, sospeitoso de
traizón. Os xuíces sentaron contra o habitáculo
do temoeiro, diante dun gran bol de ponche, con pipas e tabaco; entón
empezou o proceso. Ían vota-la sentencia cando un dos xuíces
propuxo fumar outra pipa máis antes da deliberación. Entón
Kennedy ergueuse, sacou a pipa da boca, esgarrou, e falou nestes termos:
—¡Raio de Deus! Señores e cabaleiros de fortuna,
que o demo me leve se non penduramos a Darby Mullin, o meu vello camarada.
Darby é un bo rapaz, ¡raio de Deus! Mamalón o que
diga o contrario, e somos cabaleiros, ¡demo! Botámo-los
fígados xuntos, ¡raio de Deus! E quéroo con todo
o meu corazón, ¡carallo! Señores e cabaleiros de
fortuna, coñézoo ben; é un dos auténticos;
se vive non se arrepentirá xamais; léveme o demo se el
se arrepinte, ¿non é, amigo Darby? Pendurémolo
,¡raio de Deus! E, co permiso da honorable compaña, vou
beber un bo grolo á súa saúde.”
Este discurso pareceu admirable e digno das máis nobres oratorias
militares que contan os vellos. Roberts quedou abraiado. Dende ese día,
Kennedy colleu ambición. Ó ancho das Barbados, cando Roberts
apartara nunha chalana perseguindo unha nave portuguesa, Kennedy forzou
ós seus compañeiros a elixilo capitán do Corsario,
E fixo velas pola súa conta. Afundiron e pillaron numerosos bergantíns
e galeras, cargados de azucre e de tabaco de Brasil, sen conta-lo po
de ouro e os sacos cheos de dobróns e de pezas de a oito. A súa
bandeira era de seda negra, cunha cabeza de morto, un reloxo de area,
dous ósos cruzados, e debaixo un corazón acabado nun dardo,
do que caían tres pingas de sangue. Deste xeito atoparon unha
chalupa ben tranquila de Virxinia, o capitán da cal era un cuáquero
piadoso, chamado Knot. Este home de Deus non tiña a bordo nin
ron nin pistola, nin sabre nin machete; estaba vestido cun longo hábito
negro, e levaba un chapeo de ala ancha de cor semellante.
—¡Raio de Deus! –dixo o capitán Kennedy–,
é un vividor, e ledo; velaí o que me gusta; non se lle
fará mal ó meu amigo, o señor capitán Knot,
que está vestido de xeito tan alegre.
O Sr. Knot inclinouse, facendo espaventos silenciosos.
—Amén –dixo o Sr. Knot. Así sexa.
Os piratas fixéronlle regalos ó Sr. Knot. Regaláronlle
trinta mohures, dez rolos de tabaco do Brasil, e bolsiñas de
esmeraldas. O Sr. Knot colleu de boa gana os mohures, as pedras preciosas
e o tabaco.
—Son presentes que se poden aceptar para facer deles un uso piadoso.
¡Ah! ¡Se o ceo quixese que os nosos amigos que atravesan
o mar, estivesen todos animados de semellantes sentimentos! O Señor
acepta tódalas restitucións. Son, por así dicir,
os membros do cuxo, e as partes do ídolo Dagón, o que
vós lle ofrecedes, amigos meus, en sacrificio. Dagón aínda
reina neses países profanos, e o seu ouro dá malas tentacións.
—¡Diaño de Dagón! –dixo Kennedy–.
¡Cala a boca, raio de Deus! Colle o que che dan, e bota un grolo.
Entón o Sr. Knot inclinouse pacificamente: pero rexeitou o seu
cuarto de ron.
—Señores amigos meus –dixo...
—Cabaleiros de fortuna, ¡Raio de Deus! –berrou Kennedy.
—Señores amigos cabaleiros –empezou de novo o Sr.
Knot–, os licores fortes son, por así dicir, aguillóns
de tentación que a nosa carne feble non podería soportar.
Vós, amigos meus...
—¡Cabaleiros de fortuna, raio de Deus! –berrou Kennedy.
—Vós, meus amigos e cabaleiros afortunados –empezou
de novo o Sr. Knot–, que estades endurecidos por longas probas
contra o Tentador, é posible, probable, diría eu, que
non sufrades ningún inconveniente; pero ós vosos amigos
indisporíaos, indisporíaos gravemente...
—¡Indisporíaos o demo! –dixo Kennedy–.
Este home fala admirablemente, pero eu bebo mellor.
Levaranos a Carolina a ver ós seus excelentes amigos que posúen
sen dúbida outros membros do cuxo do que fala. ¿Non é,
señor capitán Dagón?
—Así sexa –dixo o cuáquero–, pero chámome
Knot.
E inclinouse outra vez. As grandes ás do seu chapeo tremelaban
co vento.
O Corsario botou áncoras nunha cala favorita do home de Deus.
Prometeu traerlles os seus amigos e volveu, en efecto, o mesmo serán,
cunha compañía de soldados enviados polo Sr. Spotswood,
gobernador da Carolina. O home de Deus xuroulles ós seus amigos,
os afortunados cabaleiros, que só era para impedirlles introducir
neses países profanos os seus licores tentadores. E cando apresaron
ós piratas:
—¡Ah! Amigos meus –dixo o Sr. Knot–, aceptade
tódalas mortificacións, como eu o fixen.
—¡Raio de Deus, mortificación é a palabra!
–xurou Kennedy.
Puxéronlle cadeas a bordo dun transporte para xulgalo en Londres.
Old Bailey recibiuno. Fixo cruces sobre tódolos interrogatorios,
e puxo neles a mesma marca que sobre os recibos de presa. O seu último
discurso pronunciouno no peirao da Execución, onde a brisa do
mar abalaba os cadáveres de vellos cabaleiros de fortuna, colgados
coas súas cadeas.
—¡Raio de Deus! É todo un honor –dixo Kennedy,
mirando ós pendurados–. Vanme colgar a carón do
capitán Kid. Xa non ten ollos, pero ben ten que ser el. Non había
coma el para levar unha chaqueta tan boa de pano carmesí. Kid
sempre foi un home elegante. ¡E sabía escribir! ¡Coñecía
as súas letras, carallo! ¡Unha man tan fermosa! Escuse
capitán –saudou ó corpo seco de chaqueta carmesí–.
Pero foise tamén, cabaleiro de fortuna.
O MAIOR STEDE BONNET
Pirata por humor
O maior Stede Bonnet era un cabaleiro retirado do exército que
vivía das súas plantacións, na illa de Barbados,
cara a 1715. Os seus campos de canas de azucre e de cafeais dábanlle
rendas, e gorentáballe fuma-lo tabaco que el mesmo cultivaba.
Estivera casado, nunca tivo ledicia na convivencia, e dicían
que a muller o fixera tolear. En efecto, a súa teima só
o colleu despois da corentena, e ó principio os seus veciños
e os seus serventes cederon a ela inocentemente.
A teima do maior Stede Bonnet foi tal que así. Empezou a desprezar
en todo momento a táctica terrestre e a gaba-la mariña.
Os únicos nomes que tiña nos beizos eran os de Avery,
de Charles Vane, de Benjamin Hornigold e de Edward Teach. Eran, segundo
el, destemidos navegantes e homes emprendedores. Naquel tempo pirateaban
o mar das Antillas. Se ocorría que lles chamasen piratas diante
do maior, este exclamaba:
—Loado sexa Deus entón por ter permitido a eses piratas,
como lles chaman vostedes, dar exemplo da vida franca e común
que levaban os nosos avós. Daquela non había posuidores
de riquezas, nin gardiáns de mulleres, nin escravos para procura-lo
azucre, o algodón ou o índigo; pero un deus xeneroso dispensaba
tódalas cousas e cada un recibía a súa parte. Velaí
por qué eu admiro extremadamente os homes libres que comparten
os bens entre eles e levan xuntos a vida de compañeiros de fortuna.
Percorrendo as súas plantacións, o maior petaba a miúdo
nas costas dun traballador:
—¿E non che sería mellor, imbécil, estibar
nalgunha lancha ou nalgún bergantín os feixes da miserable
planta sobre os brotes da que deixas pingar aquí a túa
suor?
Case tódolos seráns o maior reunía os seus servidores
baixo os cabanos de gran, onde lles lía, á luz da candea,
mentres moscas de cores revoaban arredor, os grandes feitos dos piratas
da Hispaniola e da illa da Tartaruga. Pois follas voantes advertían
das súas rapinas ás vilas e ás granxas.
—¡Excelente Vane! –berraba o Maior–. ¡Bravo
Hornigold, verdadeiro corno da abundancia cheo de ouro! ¡Sublime
Avery, cargado coas xoias do gran Mogol e do rei de Madagascar! ¡Admirable
Teach, que soubeches gobernar sucesivamente catorce mulleres e desfacerte
delas, e que tivéche-lo maxín de entregar tódalas
noites a derradeira (só ten dezaseis anos) ós teus mellores
compañeiros (por pura xenerosidade, grandeza de alma e coñecemento
do mundo) na túa boa illa de Okerecok! ¡Oh, que ledo sería
o que seguise as vosas pegadas, e que bebese o seu ron contigo, Barbanegra,
señor do Desquite da raíña Ana!
Os criados do Maior escoitaban todos estes discursos con sorpresa e
en silencio; e só interrompía as palabras do Maior o áxil
ruído apagado das lagartas, a medida que caían do teito,
pois o espanto facíalles solta-las ventosas das súas patas.
Despois, o Maior, abeirando a vela coa man, trazaba coa cana por entre
as follas de tabaco tódalas manobras navais deses grandes capitáns
e ameazaba coa lei de Moisés (así lle chaman os piratas
a unha bastonada de corenta golpes) a calquera que non comprendese a
fineza das evolucións tácticas propias dos filibusteiros.
Finalmente, o Maior Stede Bonnet xa non o puido aturar máis,
e tras mercar unha vella chalupa de dez pezas de canón, equipouna
con todo o que conviña á piratería, como machetes,
arcabuces, escaleiras, pranchas, rizóns, machadas, Biblias (para
prestar xuramento), pipos de ron, lanternas, feluxe para negrexa-la
cara, pez, mechas para queimar entre os dedos dos mercadores ricos e
ben de bandeiras negras coa caveira branca, con dous fémures
cruzados e o nome do barco: O Desquite. Despois, mandou de golpe subir
a bordo a setenta criados e fíxose ó mar pola noite, dereito
ó Oeste, rasando San Vicente, para dobra-lo Iucatán e
piratear tódalas costas ata Savannah (onde nunca chegou).
O Maior Stede Bonnet non coñecía nada das cousas do mar.
Empezou pois a perde-la cabeza entre o compás e o astrolabio,
trabucando a mesana coa tisana, trinquete con roquete, botaló
con bota aló, luces de carón con luces de canón,
zapón con zoupón, mandando encolle-las velas en vez de
recolle-las velas, en suma, tan axitado polo tumulto das verbas descoñecidas
e o movemento inusitado do mar que pensaría en volver a terra
de Barbados se o glorioso desexo de ergue-la bandeira negra á
vista do primeiro barco non o mantivese no seu designio. Non embarcara
ningunha provisión, contando coa súa pillaxe. Pero a primeira
noite non viron nin as luces da máis mínima lancha. O
Maior Stede Bonnet decidiu entonces que había que atacar un poboado.
Tras ordenar tódolos seus homes na ponte, repartiu entre eles
machetes novos e exhortounos á máis grande ferocidade;
despois mandou traer un caldeiro de feluxe coa que ennegreceu el mesmo
a cara, ordenándolles que o imitasen, o que fixeron non sen ledicia.
Finalmente, xulgando polas súas lembranzas que conviña
estimula-la tripulación cunha bebida habitual dos piratas, fíxolles
tragar a cada un unha pinta de ron mesturado con pólvora (xa
que non tiñan viño, que é o ingrediente ordinario
en piratería). Os serventes do Maior obedeceron; pero, contrariamente
ós usos, a súa cara non se inflamou de furor. Avanzaron
con bastante uniformidade a babor e a estribor, e inclinando as súas
caras negrexadas sobre as bordas, ofrecéronlle aquela mestura
ó mar perverso. Tralo cal, despois de que O Desquite estivese
a piques de varar na costa de Saint-Vincent, desembarcaron cambaleando.
A hora era matinal, e as caras pasmadas dos paisanos non encirraban
para nada a cólera. O ánimo do mesmo Maior non estaba
de xera para berros. Fixo pois con fachenda a compra de arroz e de legumes
secos con porco salgado, que pagou (ó xeito dos piratas e ben
nobremente, pareceulle a el) con dúas barricas de ron e unha
vella maroma. Despois disto, os homes conseguiron penosamente reflotar
O Desquite; e o Maior Stede Bonnet, todo cheo coa súa primeira
conquista , fíxose de novo ó mar.
Tivo a vela largada todo o día e toda a noite, sen saber en absoluto
qué vento o empuxaba. Cara ó abrente do segundo día,
cando adurmiñara contra o habitáculo do temoeiro, ben
amolado polo machete e o trabuco, espertouno o berro:
—¡Hei da chalupa!
E viu a unhas 120 brazas (*200 m) o botaló dunha nave que abaneaba.
Un home moi barbudo estaba á proa. Unha bandeiriña negra
ondeaba no mastro.
—¡Iza o noso pavillón de morte! –berrou o Maior
Stede Bonnet.
E, decatándose de que o seu grao era de exército de terra,
decidiu nese mesmo intre coller outro nome, seguindo ilustres exemplos.
Sen esperar nada, respondeu logo:
—Chalupa O Desquite, mandada por min, capitán Thomas, cos
meus compañeiros de fortuna.
Ó que o home barbudo soltou unha gargallada.
—Alégrome de atopalo, compañeiro –dixo–.
Poderemos vogar de conserva. E veña beber un pouco de ron a bordo
do Desquite da raíña Ana.
O Maior Stede Bonnet comprendeu de contado que atopara o capitán
Teach, Barbanegra, o máis afamado dos que admiraba. Pero a súa
ledicia foi menos grande do que pensara. Tivo a sensación de
que ía perde-la súa liberdade de pirata. Taciturno, pasou
a bordo do navío de Teach, que o recibiu moi graciosamente, co
vaso na man.
—Compañeiro –dixo Barbanegra–, gústasme
moito. Pero navegas con imprudencia. E se fas caso do que che digo,
capitán Thomas, quedarás no noso bo barco, e farei que
dirixa a túa chalupa este afoutado home moi experimentado que
se chama Richards; e no navío de Barbanegra terás todo
o tempo de gozar da existencia en liberdade dos homes de fortuna.
O Maior Stede Bonnet non ousou rexeitar. Liberárono do seu machete
e do seu trabuco. Prestou xuramento sobre a machada (pois Barbanegra
non podía atura-la vista dunha Biblia), e asignáronlle
a súa ración de galletas e de ron, xunto coa súa
parte nos botíns futuros. O Maior non imaxinara en absoluto que
a vida dos piratas estivese tan regulamentada. Sufriu os furores de
Barbanegra e as angustias da navegación. Saíndo de Barbados
como cabaleiro, para ser pirata seguindo o seu maxín, viuse obrigado
a facerse pirata de verdade no Desquite da raíña Ana.
Levou esta vida tres meses, durante os que axudou ó seu señor
en trece abordaxes, e despois atopou xeito de volver pasar á
súa propia chalupa, O Desquite, baixo as ordes de Richards. No
que foi prudente, porque a noite seguinte o lugartenente Maynard, que
chegaba de Bathtown, atacou a Barbanegra á entrada da súa
illa de Okerecok. Barbanegra morreu no combate, e o lugartenente ordenou
que lle cortasen a cabeza e a atasen na punta do seu bauprés;
o que se fixo.
Mentres, o pobre capitán escapou cara a Carolina do Sur e navegou
aínda varias semanas. O gobernador de Charlestown, avisado do
seu paso, delegou no coronel Rhet para facerse con el na illa de Sullivans.
O capitán Thomas deixouse prender. Levárono a Charlestown
con gran pompa, baixo o nome de Maior Stede Bonnet, que volveu asumir
tan pronto como puido. Puxérono na cadea ata o 10 de Novembro
de 1718, cando compareceu diante da corte do vicealmirantado. O presidente
do tribunal, Nicolas Trot, condenouno a morte, velaí vai o fermosísimo
discurso:
—Maior Stede Bonnet, é convicto de dúas acusacións
de piratería: pero sabe que ten pillado polo menos trece navíos.
De xeito que podería ser acusado de once cargos máis;
pero hannos chegar dous –dixo Nicolas Trot–, porque son
contrarios á lei divina que ordena: Non roubarás (Éxodo,
20, 15) e o apóstolo San Paulo declara expresamente que os ladróns
non herdarán o reino de Deus (I Corintios, 6, 10). Pero ademais
é culpable de homicidio: e os asasinos –dixo Nicolas Trot–
terán a súa parte no estanque ardente de lume e de xofre
que é a segunda morte (Apocalipse, 21, 8). E quén pois
–dixo Nicolas Trot– poderá habitar coas ardores eternas?
(Isaías, 33, 14) Ah! Maior Stede Bonnet, teño xustas razóns
para temer que os principios da relixión coa que embeberon a
súa xuventude –dixo Nicolas Trot– estean demasiado
corrompidos pola súa mala vida e pola súa esaxerada aplicación
á literatura e á va filosofía deste tempo; pois
se o seu pracer estivese na lei do Eterno –dixo Nicolas Trot–
e a tivese meditado día e noite (Salmos, 1,2) tería atopado
que a palabra de Deus era unha lámpada ós vosos pés
e unha luz nos vosos sendeiros (Salmos, 119, 105). Pero vostede non
fixo así. Xa non lle queda máis que fiar no Cordeiro de
Deus –dixo Nicolas Trot– que quita o pecado do mundo (Xan,
1, 29) que veu para salva-lo que estaba perdido (Mateo, 18, 11), e prometeu
que nunca botará fóra o que veña a el (Xoán,
6, 37). De xeito que se quere volver a el, aínda que tarde –dixo
Nicolas Trot–, coma os obreiros da undécima hora na parábola
dos viñateiros (Mateo, 20, 6, 9) aínda poderá recibilo.
Entrementres, o Tribunal pronuncia –dixo Nicolas Trot– que
sexa conducido ó lugar da execución onde será pendurado
pola gorxa ata que lle chegue a morte.
O Maior Stede Bonnet, tras escoitar con compunción o discurso
do presidente do tribunal, Nicolas Trot, foi pendurado o mesmo día
en Charlestown como ladrón e pirata.
OS SRES. BURKE E HARE
Asasinos
O señor William Burke elevouse da condición máis
baixa deica un renome eterno. Naceu en Irlanda e empezou a traballar
como zapateiro. Exerceu ese oficio durante varios anos en Edimburgo,
onde fixo amizade co Sr. Hare, sobre o que tivo grande influencia. Na
colaboración dos Sres. Burke e Hare, non cabe dúbida de
que a potencia inventiva e simplificadora pertenceu ó Sr. Burke.
Pero os seus nomes fican inseparables na arte, coma os de Beaumont e
Fletcher. Viviron xuntos, traballaron xuntos e prendéronos xuntos.
O Sr. Hare nunca protestou contra o favor popular que se vinculou particularmente
á persoa do Sr. Burke. Un desinterese tan absoluto non recibiu
a súa recompensa. Foi o Sr. Burke o que legou o seu nome ó
procedemento especial que lles deu honra ós dous colaboradores.
O monosílabo burke vivirá aínda por moito tempo
na boca dos homes, cando xa a persoa de Hare estea desaparecida no esquezo
que se estende inxustamente sobre os traballadores escuros.
Parece que o Sr. Burke achegou na súa obra a fantasía
meiga da illa verde onde nacera. A súa alma debeu embeberse nos
relatos do folclore. Hai, no que fixo, coma un resaibo distante das
Mil e unha Noites. Semellante ó califa que vagaba ó longo
dos xardíns nocturnos de Bagdad, desexou aventuras misteriosas,
espertando a súa curiosidade os relatos descoñecidos e
as persoas estranxeiras. Semellante ó grande escravo negro armado
cunha pesada cimitarra, non atopou unha conclusión máis
digna para a súa voluptuosidade cá morte para os outros.
Pero a súa orixinalidade anglosaxona consistiu en que logrou
saca-lo partido máis práctico das súas vagabundaxes
de imaxinación celta. Cando o seu pracer artístico terminara,
¿que facía o escravo negro, pregúntovos, cos que
lles cortara a cabeza? Cunha barbarie moi árabe despezábaos
para conservalos en sal nunha adega. ¿Que proveito sacaba? Ningún.
O Sr. Burke foi infinitamente superior.
Dalgún xeito o Sr. Hare serviulle de Dinarzade. Parece que o
maxín do Sr. Burke foi excitado especialmente pola presencia
do seu amigo. A ilusión dos seus soños permitiulles servirse
dun faiado para aloxar nel as súas pomposas visións. O
Sr. Hare vivía nun cuartiño no sexto piso dunha casa alta
moi poboada de Edimburgo. Un sofá, unha gran tulla e algúns
utensilios de aseo compuñan sen dúbida case todo o mobiliario.
Enriba dunha mesiña había unha botella de whisky con tres
vasos. O Sr. Burke tiña por norma recibir só unha persoa
cada vez, nunca a mesma. O seu xeito era invitar a un descoñecido
que pasaba por alí entre lusco e fusco. Vagaba polas rúas
para examina-los rostros que espertaban a súa curiosidade. Algunhas
veces elexía ó chou. Dirixíase ó descoñecido
con toda a cortesía que tería utilizado Arun-Al-Raschid.
O descoñecido subía os seis pisos do faiado do Sr. Hare.
Cedíanlle o sofá, ofrecíanlle de beber whisky de
Escocia. O Sr. Burke preguntáballe sobre os incidentes máis
sorprendentes da súa existencia. Era un oínte insaciable
o Sr. Burke. O relato interrompíao sempre o Sr. Hare antes da
saída do día. A forma de interrupción do Sr. Hare
era invariablemente a mesma e moi imperativa. Para interrompe-lo relato,
o Sr. Hare tiña o costume de pasar por detrás do sofá
e aplica-las mans na boca do relator. No mesmo momento, o Sr. Burke
viña sentar sobre o seu peito. Ámbolos dous, nesta posición,
soñaban, inmóbiles, coa fin da historia que nunca habían
escoitar. Deste xeito, os Sres. Burke e Hare remataron un gran número
de historias que o mundo non coñecerá nunca.
Cando o conto fora detido definitivamente, xunto co alento do relator,
os Sres. Burke e Hre exploraban o misterio. Espían ó descoñecido,
admiraban as súas xoias, contaban os seus cartos, lían
as súas cartas. A algunhas correspondencias non lles faltaba
interese. Despois puñan o corpo a arrefriar na gran tulla do
Sr. Hare. E aquí o Sr. Burke amosaba a forza práctica
do seu espírito.
Era importante que o cadáver estivese fresco, pero non morno,
para aproveitar ata as feces o pracer da aventura.
Nestes primeiros anos do século, os médicos estudiaban
con paixón a anatomía; pero, por causa dos principios
da relixión, experimentaban moitas dificultades a fin de procuraren
suxeitos para disecalos. O Sr. Burke, como espírito ilustrado,
dérase de conta desa lagoa da ciencia. Non se sabe cómo,
amigou cun venerable e sabio practicante, o doutor Knox, que profesaba
na facultade de Edimburgo. Quizais o Sr. Burke seguira cursos públicos,
aínda que a súa imaxinación debeu facelo inclinarse
máis ben polos gustos artísticos. O que é certo
é que lle prometeu ó doutor Knox que lle había
axuda-lo mellor que puidese. Pola súa banda, o doutor Knox comprometeuse
a pagarlle as súas penas. A tarifa ía descendendo dende
os corpos dos mozos ata os corpos dos vellos. Estes interesábanlle
mediocremente ó doutor Knox. Tamér era esa a opinión
do Sr. Burke –pois de ordinario tiñan menos imaxinación–.
O doutor Knox fíxose célebre entre tódolos colegas
pola súa ciencia anatómica. Os Sres. Burke e Hare aproveitáronse
da vida coma diletantes. Sen dúbida, convén situar nesta
época o período clásico da súa existencia.
Porque o xenio todopoderoso do Sr. Burke levouno pronto alén
das normas e das regras dunha traxedia na que había sempre un
relato e un confidente. O Sr. Burke evolucionou só (sería
pueril invoca-la influencia do Sr. Hare) cara a unha especie de romanticismo.
O decorado do faiado do Sr. Hare xa non lle chegaba, inventou o procedemento
nocturno na brétema. Os numerosos imitadores do Sr. Burke embazaron
un pouco a orixinalidade do seu xeito. Mais velaquí a verdadeira
tradición do mestre.
A fecunda imaxinación do Sr. Burke cansara dos relatos eternamente
semellantes da experiencia humana. Nunca o resultado respondera ás
súas esperanzas. Chegou a interesarse só no aspecto real,
sempre variado para el, da morte. Localizou todo o drama no desenlace.
A calidade dos actores xa non lle interesaba. Formouse con eles ó
chou. O único accesorio do teatro do Sr. Burke foi unha máscara
de tea chea de pez. O Sr. Burke saía polas noites de brétema,
coa máscara na man. Acompañábao o Sr. Hare. O Sr.
Burke esperaba polo primeiro transeúnte, camiñaba diante
del, despois, virándose, aplicáballe a máscara
de pez na cara, súbita e solidamente. Axiña, os Sres.
Burke e Hare, cada un por seu lado, facíanse cos brazos do actor.
A máscara de tea chea de pez presentaba a simplificación
xenial de afogar á vez os berros e o alento. Ademais era tráxica.
A brétema esvaecía os xestos do papel. Algúns actores
parecían mimar un borracho. Unha vez que acababa a escena, os
Sres. Burke e Hare collían un cab, desequipaban ó personaxe;
o Sr. Hare vixiaba os traxes e o Sr. Burke subía un cadáver
fresco e limpo á casa do doutor Knox.
É aquí onde, en desacordo coa maioría dos biógrafos,
deixarei ós Sres. Burke e Hare no medio da súa aureola
de gloria. ¿Por que destruír un efecto artístico
tan bonito levándoos languidecendo ata a fin da súa carreira,
revelando os seus erros e as súas decepcións? Chega con
velos coa máscara na man, errando polas noites de brétema.
Xa que a fin da súa vida foi vulgar e semellante a tantas outras.
Parece que colgaron a un deles e que o doutor Knox tivo que deixa-la
facultade de Edimburgo. O Sr. Burke non deixou outras obras.