Voltar

Rainer Maria Rilke

Na vida

Versión galega de Saleta Fernández

 

O señor revisor de contas está dobrado sobre o escritorio coma un tubo do gas cunha bóla de cristal opaco no extremo.

Está afanado, e non é doado afanarse tendo a quen ten en fronte.

Por sorte, os escritorios teñen gabetas tralas que un se pode agochar coma detrás dunha amea.

A esférica cabeza pelada do revisor de contas está profundamente enroscada sobre os números, de xeito que as palabras do oficial pásanlle por riba e van dar contra o documento real colgado da parede, un mapa no que se pode ler "Rede de ferrocarrís de Europa".

Vese: o rapaz, que está por derradeira vez no despacho, xa lle perdeu todo o respecto á propiedade sagrada do estado. Permítese todo. Agora di, por exemplo:

—En serio, señor Kniemann, antes varredor ou... qué sei eu... que irse achaiando ós poucos e enchéndose de po neste lugar. Faga o favor de mirar estas paredes... dereita, esquerda; aquí está un metido coma nun libro vello; é o marcador de páxina esquecido do señor antecesor que adormeceu sobre esta folla.

—17.850 –di o revisor de contas Kniemann, esquivando a inmensa folla do rexistro de propiedade que ó darlle a volta pásalle por diante coma a vela dun barco.

—Vostede di que un non fica de oficial toda a vida –o outro explica o xesto– que se pode chegar a revisor de contas, director de oficina e mesmo a inspector, o que quere dicir que sacan a un dun novelón para metelo nun tomo de canto dourado, algo así como pasar de O asasino da carboeira a O libro das cancións. Pero eu dígolle que un sempre será marcador; como moito, en tempos de ascensos, poderá levar unha inscrición na parte de arriba que diga: "non me esquezas". Gracias, mais eu sonlle demasiado... demasiado plástico para o tal destino. Teño que saír.

O revisor deixa caer un "si" indiferente e empeza outra vez a suma-la fila de abaixo arriba. Enganouse.

—Aló hai mañá, mediodía e tarde –di con entusiasmo o máis novo–. ¿Ten acaso iso aquí? Aquí todo o que vostede ten é de oito a tres, ¡vaia cousa! ¿E que lle queda do día? Os restos dun par de metros, de liquidación e rebaixados. Non chegan para nada, nin para facer un chaleco lle dan. Mais aló... aló hai luz e aire, e cores e liberdade...

—¿Onde? –pregunta o revisor, con desconfianza, sen deixar de facer contas.

—Na vida –di o outro enfonchado.

—Rapaz... –di o revisor, amolado, mentres segue a facer contas.

Mais o oficial non pode deixar de soñar. Hoxe é poeta, aínda que só sexa un poetastro: sentimental e un pouco pasado de moda, sen o pudor e a sinxeleza dos verdadeiros poetas, mais está entusiasmado consigo mesmo. É coma unha candea na que alguén está a queimar unha carta de amor, e soña:

—Aqueles xardíns en primavera... algo lle teñen que me chega ó fondo da alma. Digo os xardinciños das casas, que se ven dende as ventás das cociñas, sempre unha por riba da outra. Óese cantar por todas partes, nas árbores e nas fiestras, nos mercados e polas quenllas.

»¿Aquí escoitou algunha vez cantar, señor revisor? Non, xa lle digo eu que non... e aquelas prazas, coas súas estatuas firmes e cerimoniosas, cheas de xente arredor, levantadas na lembranza de grandes persoas. Vostede nunca se detivo diante dun deses inmortais. Vostede non ten tempo de que o levanten.

O oficial ergue a ollada. Un moscardo camiña tranquilo pola fronte baixada do vello. O cranio non se inmuta, e o de en fronte pensa: qué morto está, e éntralle un gran desacougo. Ó final, xa non o atura máis:

—¡Polo amor de Deus, fágame o favor de polo menos espanta-la mosca da fronte!

O señor Kniemann fai un movemento mecánico coa murcha man amarela e conta:

—12.473.

O outro volve apouvigar.

Deixa escapar un sorriso resplandecente:

—E aló hai quenllas, quenllas.... –Silencio–. Só hai que saber ir. A cada momento pasa unha rapaza, rubia e clara, e sorrí, coma se alguén a saudase. E detrás das fiestras andan todos ó axexo, patean cos peíños pola impaciencia, e agardan... a felicidade. E un estírase e pensa: "Eu son a felicidade", e éa. ¡Así de fácil!, dígollo eu, señor Kniemann, só é cuestión de querer. Mañá pola mañá, en erguéndose déase a orde de se-lo emperador de Europa. Xa verá: serao.

—¿Eeee? –gralla o revisor, e ousa asomarse un chisco pola amea. O outro bótalle un sorriso bondadoso á engurrada cara de paxaro asustado e di presuntuoso:

—Si, aló élle así.

O vello funcionario volve somerxerse nos seus papelorios, mais está inquedo e de alí a un pouco pregunta:

—¿Onde?

—¿Onde? –di o oficial– onde vai ser, na vida.

O señor Kniemann pensa: "Ti hasme dicir a min", porque o señor Kniemann é un home con experiencia. Xa tivo a varíola e maila escarlatina, e ademais fixo a Confirmación: "¡veña oh!" Sorrí pensativo, e é coma se se acendese unha chamiña pequena no tubo de gas, nalgún lugar no medio da súa cabeza. E agora, ó se querer filtrar algo, é cando un se decata da cantidade de po que ten a bóla de cristal opaco.

O rapaz aló enriba non se deixa amolar. Hoxe publícase: As Obras Completas. Así que continúa:

—Pense nun día de verán. ¿Non lle parece inconmensurable? Pois iso non é nada, porque o verán ten moitos días. E ningún é igual ó outro, cada un é un milagre en si mesmo. Fóra todo son milagres, e todos son para nós. Se non miramos, ¿quen nos ten a culpa? Estamos aquí sentados, facendo cousas de listos. Escribimos números. Escribimos "Transporte de carbón no mes de decembro" e fóra está a vida. Escribimos "Furgoneta nº 7.815" e fóra está a felicidade.

»Eu fareime agricultor, iso, labrador. Porque haille que facer algo do que saiba o noso Señor. ¿Pensa vostede que el ha de pasar por este patio mofento? ¡Para que lle dure o mal humor dez días festivos!

»E non esqueza: fóra todo é movemento. De arriba para abaixo, de acó para aló, coma un baile. A ninguén lle adormecen os pés, ninguén ten o corazón oprimido. Non se debería dicir de nós: viven sentados, porque iso é suicidio, e como moito quere dicir que morren sentados. E eu aínda non teño gana de morrer, nin moito menos. Antes teño a intención de fumar un par de cigarros en boa compaña, porque aló (non coma aquí) todo está permitido, mesmo fumar.

A cabeza do revisor de contas vai asomando pouco a pouco durante este discurso, e agora está botada cara a adiante coa mandíbula sobre unha carpeta, "Actas Letra B", coma un calcapapeis de mal gusto. Asente atento:

—¿Na vida?

—Na vida –confírmalle, serio, o rapaz, que ten as meixelas acendidas.

»É certo: hai que atoutiñar na porta un pouco, o camiño á vida non se atopa de contado. E despois tamén está o perigo, a propia vida, que é cumio e abismo, illa e onda... todo, todo. ¿Pode senti-lo que iso significa? É coma os regalos na Noite Boa. Non nos chegan as mans para coller tódolos presentes, nin os ollos para marabillarnos. Somos pobres de riqueza.

—Na vida. –Esta vez sen signo de interrogación. E a pobre voz do vello imita inconscientemente a alegría do outro. O son destas palabras marabilla ó revisor de contas e repite outra vez con coidado, coma quen aprende unha lingua:

—Na vida.

O de arriba pronuncia case ó mesmo tempo:

—Na vida.

E as dúas voces xuntas danlle á palabra a forza dun xuramento ou dunha pregaria.

O rapaz sente a solemnidade, atópase de súpeto coma no medio do bosque, en silencio. Pensa na súa nai e imaxínaa de domingo: coa cofia violeta, coa cara chorosa polo sermón, mais sorrindo...

Malia o bigote rubio, agora ten cara de neno, e parece tan inxenuo que o revisor sabe que non mente.

Espera aínda algo. Pero cando o oficial cala, séntase atento, pecha o libro, e queda mirando para a gran folla de papel secante, xa amarelecida, que utiliza para poñer debaixo cando escribe.

Tres borranchos grandes e vellos retéñenlle a ollada.

Por fin sóltase, e por algunha razón dirixe a cabeza cara a ventá. Diante non hai nada, só unha parede gris, e arriba de todo unha raiola de sol.

O señor Kniemann pensa: "Así que isto non é a vida".

E en fronte, na parede gris do patio interior, saen tres lúas de cor amarela alaranxada. Son astros estraños, que se poñen coma borranchos negros na carpeta poeirenta e volven saír unha e outra vez alí enriba, de cor vermella alaranxada.

O revisor colle medo de súpeto. "Tres lúas vermellas, ¿que clase de mundo é este?" Un mundo triste, señor revisor.

De alí a un pouco érguese e berra polo asistente do despacho, berra tanto que o oficial asústase. Ármase de voz:

—¡Knizek!

Debe ser algo urxente.

—¡Knizek!

.....

—¡Poña debaixo da miña folla un papel secante novo!