Voltar

René Caillié

Viaxe a Tombuctú

Traducción de Xoán Anllo, traductor de español na ONU de 1966 a 1996

 

Capítulo XXI

Ruta de Cabra a Tombuctú. O primeiro aspecto da vila; a impresión que produce. A nación dos kissures. El-rei; a audiencia que dá ó viaxeiro. A condición dos escravos. Descrición da vía, a súa extensión, a súa construcción e o seu comercio. A alimentación, a vestimenta e os adornos dos habitantes. Busbéhey, a vila dos zauâts. Tudeyni. A tribo de Salah. O terror que inspiran os tuaregs: retrato desta tribo. A nación dos ginbalas. Detalles sobre a catástrofe do comandante Laing. Reflexións sobre as formas de penetrar no centro de África.

O 20 de abril, ás tres e media, a xente de Sidi-Abdallahi e mais eu puxémonos en camiño para Tombuctú dirixíndonos cara ó norte. Os escravos que estaban a bordo da embarcación tamén viñan connosco, de xeito que formabamos unha caravana moi numerosa; os escravos máis novos puxéronnos enriba de burros porque o camiño está cheo de area e cansa moito. Preto de Cabra atopamos dúas grandes pozas coas ribeiras cubertas de mimosas de cinco a seis pés de alto: dende unha certa distancia agradécese atopar algunhas trazas de vexetación. A metade do camiño presenta o mesmo aspecto; a outra metade da ruta está máis descuberta e a area é máis movediza, co que camiñar e máis traballoso.

Durante o camiño seguiunos un tuareg montado sobre un soberbio cabalo: este saqueador, que tería uns cincuenta anos, quería apoderarse dun mozo escravo negro; a xente de Sidi-Abdallahi Chebir falou con el e aseguroulle que o escravo pertencía ó seu amo, e que, ó chegar á cidade, se ía velo, daríalle algunha cousa; a esperanza de recibir un agasallo calmouno e deixou de nos amolar. Este home mirábame moito e preguntoulle varias veces á xente que me acompañaba quén era eu e de ónde viña. Cando lle dixeron que eu era pobre, renunciou a toda esperanza de obter de min algo.

Por fin chegamos felizmente a Tombuctú, xusto cando o sol tocaba o horizonte. Vin pois esta capital do Sudán, que dende había moito tempo era o fin de tódolos meus desexos. Ó entrar nesta cidade misteriosa, obxecto das buscas das nacións civilizadas de Europa, asolagoume un sentimento inexplicable de satisfacción; nunca sentira antes unha sensación semellante e a miña ledicia era extrema. Pero tiven que conte-lo meu entusiasmo e foi a Deus a quen lle confiei o meu arrouto, ¡con que ardor lle dei as gracias polo feliz éxito co que coroara a miña empresa! ¡Cantas accións de gracias tería que darlle pola protección manifesta que me concedera, no medio de tantos obstáculos e perigos que parecían insuperables! Volto do meu arrouto, pareceume que o espectáculo que tiña diante dos meus ollos non respondía ó que eu esperara; fixérame outra idea da grandeza e maila riqueza desta vila: a primeira vista non ofrece outra cousa que unha marea de casas de terra, mal feitas; por onde se mirase, un non vía máis que chairas inmensas de area movediza, dunha cor branca tirando a amarelo, e unha enorme aridez. O ceo, no horizonte, é dun vermello pálido; todo é triste na natureza; reina alí o máis grande silencio; non se escoita o canto de ningún paxaro. Emporiso, hai algo que impón cando se mira unha vila tan grande levantada no medio de tanta area, e un ten por forza que admira-los esforzos que fixeron os que a fundaron. No que fai a Tombuctú, coido que antes o río pasaba á carón da vila; agora está afastado trece quilómetros cara ó norte e a oito de Cabra, na mesma dirección.

Aloxeime na casa de Sidi-Abdallahi, e podo dicir que me recibiu de xeito moi paternal. Xa lle falaran indirectamente dos supostos acontecementos que motivaran a miña viaxe polo Sudán; mandoume chamar para que cease con el. Servíronnos un cuscús moi bo de millo miúdo con anacos de carne de ovella. Eramos seis sentados arredor da fonte: comiamos coas mans, pero faciámolo coa maior limpeza posible. Sidi-Abdallahi non me fixo ningunha pregunta, seguindo así o mal custarme dos seus compatriotas. Pareceume de trato doce, calmo e moi reservado; era un home de corenta a corenta e cinco anos, de un metro cincuenta de altura aproximadamente, gordo e picado das vexigas; a súa aparencia era respectable, e a súa compostura tamén era grave e tiña algo que impoñía. Falaba pouco e con calma. A única cousa que se lle podía reprochar era o seu fanatismo relixioso.

Despois de deixar ó meu anfitrión, fun descansar nunha esteira que estenderan no chan no meu novo aloxamento. En Tombuctú as noites son tan quentes coma os días e non puiden ficar no cuarto que me prepararan, tiven que ir para o patio, e aínda alí foime imposible repousar. A calor era abafante; nin un sopro de aire viña refresca-la atmosfera; en toda a miña viaxe non me atopara aínda tan incómodo.

O 21 de abril, pola mañá, fun sauda-lo meu anfitrión, que me recibiu con moito agarimo; logo fun pasear pola vila para estudiala. Non me pareceu ni tan grande nin tan poboada como eu esperaba; o seu comercio é bastante máis pequeno do que a súa fama lle atribúe; non se ve nela, como en Jenné, a gran cantidade de estranxeiros que acoden de tódalas partes do Sudán. Nas rúas de Tombuctú só atopei os camelos que viñan de Cabra, cargados de mercadorías traídas pola flotilla de barcas; algúns grupos de veciños sentados no chan en esteiras e parolando, e moitos mouros deitados diante da súa porta, durmindo á sombra. Nunha palabra, todo respiraba a tristura meirande.

Sorprendeume ver tan pouca actividade, mesmo diría inercia, na vila. Algúns vendedores de noces de cola anunciaban a súa mercadoría coma en Jenné.

Cara ás catro da tarde, cando a calor baixou, vin saír, para dar un paseo, a varios negros negociantes, todos moi ben vestidos, montados en fermosos cabalos con ricos aparellos, pero a prudencia obrigounos a non se afastar moito da vila, por medo a bater cos tuaregs, que lles farían pasar un mal momento.

Como a calor é excesiva, o mercado faise pola tarde, cara ás tres, e nel vense poucos alleos; nembargante, os mouros da tribo de Zauât, que habita preto de Tombuctú, veñen con frecuencia ó mercado, que está case deserto en comparación co de Jenné.

En Tombuctú a penas se atopa outra cousa que as mercadorías traídas polas embarcacións, máis algunhas que veñen de Europa, como abelorios, ámbar, coral, xofre, papel e outros varios obxectos. Vin tres tendas instaladas en pequenos cuartos, bastante ben provistas de tecidos de fábricas europeas; os comerciantes teñen expostos na porta das súas tendas grandes pedrolos de sal, pero non os venden no mercado mesmo. Tódolos que venden algo na praza do mercado teñen pequenas cabanas feitas cunhas poucas estacas recubertas de esteiras para se protexer do ardor do sol. O meu anfitrión, Sidi-Abdallahi, tivo a xentileza de me amosar un dos seus almacéns nos que garda as mercadorías que trae de Europa: alí vin moitos fusís de dous canóns, franceses, coa marca da fábrica de Saint Etienne e doutras fábricas; polo regular, os nosos fusís son moi estimados e sempre se venden máis caros cós doutras nacións. Vin tamén varios fermosos cairos de elefante; o meu anfitrión díxome que lle viñan de Jenné pero que mercaba moitos máis en Tombuctú; traíanllos algúns tuaregs ou surgus, os kissurs e os sugus dirimans que viven nas ribeiras do río. Esta xente non caza os elefantes con armas de fogo, senón que lles poñen trampas; lamentei non ter visto coller ningún elefante deste xeito.

0 22 de abril Sidi-Mbark, a quen lle fixera o regalo dun anaco de tecido para que me axudase, díxome que en dous días unha caravana había saír para Tafilet, e que tiña que estar listo para acompañalo polo gran deserto. Este ofrecemento contrarioume moito, pois non quería deixar tan pronto Tombuctú, mais non perdín a esperanza de prolonga-la miña estancia nesta vila.

Polo serán fun ve-lo meu anfitrión e conteille a proposta que me fixera Mbark, engadindo que estaba moi canso do longo camiño que fixera para atravesa-lo Sudán, que quería repousar aínda uns quince días en Tombuctú, e que logo estaría listo para aproveita-la primeira caravana que partise. Non acabara de expresar este desexo e xa me interrompeu dicíndome con moita amabilidade: "Podes ficar aquí máis tempo se queres; farame moito pracer e non che ha falta nada".

Deille as gracias sinceramente, porque sabía agradece-la súa xenerosa hospitalidade. Pouco despois tivo aínda outra amabilidade comigo que lle agradecín moito. Cando cheguei, dérame un cuarto para min só, mais o negro mandinga que me maltratara durante a viaxe veuse aloxar coa súa muller no mesmo cuarto; podería aguantar alí algúns días máis, pero a súa presencia molestábame moito para toma-las miñas notas, que só ás agachadas me atrevía a escribir. Faleille a Sidi-Abdallahi do meu desexo de estar só; berroulle ó negro por ir instalarse no meu cuarto, e púxome noutra casa que tamén era súa, situada preto do mercado e por fronte da que habitara o comandante Laing; só había que atravesar unha rúa para ir dunha casa á outra.

Moitas veces, sentado diante da miña porta, pensaba tristemente na sorte do malfadado viaxeiro que, despois de ter vencidos tantos perigos, sufrido tantas privacións, e a punto de volver triunfante na súa terra, foi asasinado covardemente. Reflexionando deste xeito, asaltoume un sentimento de medo pensando que, se me descubrían, había sufrir unha sorte mil veces máis horrible cá perda da vida: ¡a escravitude! Pero fixen promesa de me comportar con toda a prudencia necesaria para non espertar ningunha sospeita.

Atopeime moito mellor no novo aloxamento; o meu anfitrión ordenara que me puxesen unha esteira nun cuarto do que me entregou a chave. Os escravos que vivían nesta casa tiñan ordes de me servir: dúas veces ó día traíanme da casa de Sidi-Abdallahi cuscús e arroz, moi ben adubados con carne de vaca ou de ovella.

A cidade de Tombuctú está habitada por negros da nación kissur, que son o grupo máis numeroso. Nesta cidade establecéronse moitos mouros que se dedican ó comercio; compároos cos europeos que van ás colonias coa esperanza de facer fortuna alí: estes mouros volven logo ó seu país para vivir nel tranquilos. Teñen moita influencia sobre os indíxenas, pero o rei ou gobernador é un negro. Este príncipe chámase Osmán; é moi respectado polos seus súbditos e de costumes moi sinxelos: nada o distingue dos demais; a súa vestimenta é semellante á que levan os mouros de Marrocos; non hai máis luxo na súa vivenda que na dos outros comerciantes. El é tamén comerciante e os seus fillos dedícanse ó comercio en Jenné: é moi rico; os seus devanceiros deixáronlle unha fortuna considerable. Ten catro mulleres e moitísimos escravos; é afervoado mahometano.

O seu cargo vénlle de herdanza; o vinculeiro será quen o ha suceder. El-rei non percibe ningún imposto sobre o pobo nin sobre os comerciantes estranxeiros, pero si recibe agasallos. Tampouco ten unha administración; é coma un pai de familia que goberna os seus fillos; é xusto e bo e non ten nada que temer dos seus súbditos; son absolutamente os costumes doces e sinxelos dos antigos patriarcas. En caso de guerra, todos están dispostos a servir. En xeral, esta xente pareceume moi doce: entre eles xorden poucos litixios, e cando xorde algún, as partes van ve-lo xefe, e este chama o consello dos anciáns, composto sempre de negros. Os mouros non poden participar no goberno. Sidi-Abdallahi, o meu anfitrión, amigo de Osmán, asiste ás veces ós seus consellos. Os mouros teñen recoñecido entre eles a un superior, pero aínda así están suxeitos á xustiza das autoridades do país. Rogueille ó meu anfitrión que me levase a ver El-rei, e fíxoo coa súa amabilidade habitual.

Este príncipe recibiunos no medio do patio, sentado sobre unha fermosa esteira nun rico coxín; ficamos sentados un momentiño a unha pequena distancia da súa persoa. O meu anfitrión díxolle que eu viña presentarlle os meus respectos e contoulle as miñas aventuras. Non puiden entender nada da súa conversación porque falaban na lingua dos kissures. Logo, El-rei dirixiume a palabra en árabe, fíxome algunhas preguntas sobre os cristiáns e sobre a maneira cómo me trataran. A nosa visita foi curta e retirámonos; gustaríame ve-lo interior da casa, pero non tiven esa satisfacción. Este príncipe pareceume de carácter afable; debía ter cincuenta e cinco anos; era de talle ordinario, tiña unha boa fisionomía, a face negra escura, o nariz aquilino, os beizos miúdos, unha barba gris e ollos grandes; a súa vestimenta estaba feita, coma a dos mouros, de tecidos europeos; levaba un barrete vermello cun grande anaco de muselina arredor en forma de turbante; tiña postas, como calzado, unhas chinelas de marroquí semellantes ás nosas pantuflas e feitas no país. Ía con frecuencia á mesquita.

Como xa dixen, en Tombuctú hai moitos mouros establecidos; teñen as mellores casas da vila. O comercio fainos ricos moi rapidamente; envíanlles mercadorías en consignación de Adrar e Tafilet; tamén as reciben de Tauat, Ardamas, Trípoli, Tunes e Alxer; chéganlles moito tabaco e diversas mercadorías de Europa que logo expiden por barca á vila de Jenné e outros lugares. Pódese considerar que Tombuctú é o principal depósito para esta rexión de África. Alí deposítase todo o sal que se extrae das minas de Tudeyni, sal que é transportado por caravanas de camelos. Os mouros de Marrocos e os dos outros países que fan viaxes a través do Sudán fican de seis a oito meses en Tombuctú para facer comercio e esperar un novo cargamento para os seus camelos.

As placas de sal átanse xuntas con cordas malas, feitas dunha herba que crece nas inmediacións de Tandaye, e que cando se recolle xa está seca; para utilizala, móllase, e despois entérrase para protexela do sol e do vento do leste, que a secarían demasiado pronto; cando está ben humedecida, sácase da terra e fanse á man cordas con ela, que logo os mouros empregan para diversos usos. Con frecuencia, os camelos tiran por terra a carga que levan, e cando as placas de sal chega á vila están en parte tronzadas, o que sería prexudicial para a súa venda se os comerciantes non tomasen a precaución de facelas amañar polos seus escravos: estes reaxustan os anacos e vólvenos embalar con cordas máis sólidas feitas de coiro de vaca; nas placas fan debuxos en negro, ben raias, ben rombos, etc. Ós escravos gústalles moito facer este traballo porque lles permite recoller para eles unha pequena provisión de sal para o seu consumo. En xeral, os homes desta clase son menos desgraciados en Tombuctú que noutras bisbarras; están ben vestidos, ben alimentados, sendo que lles batan; obríganos a practica-las cerimonias relixiosas, cousa que fan con moita exactitude, mais isto non empece que sexan considerados como mercadorías, pois expórtanos a Trípoli, a Marrocos e a outras partes da costa, onde non son tan felices coma en Tombuctú; por iso sempre se van con pena desta vila, aínda que non saiban a sorte que lles está destinada.

Cando me ía de Tombuctú vin que varios escravos, malia non se coñeceren, despedíanse os uns dos outros con xestos moi conmovedores: a aceptación da súa triste sorte esperta neles un sentimento de simpatía e de interese mutuo; fanse recomendacións uns ós outros para comportarse ben, pero os mouros encargados de levalos meten présa para partir e arríncanos destes desafogos doces, feitos tan ben que un ten que condoerse da súa sorte.

Estando na mesquita achegouse gravemente a min un mouro dunha certa idade e, sen me falar, meteu no peto da miña túnica unha presa de caurís, a moeda do país, pero foise tan lixeiro que nin tempo tiven de lle da-las gracias. Sorprendeume moito esta maneira delicada de dar unha esmola.

A cidade de Tombuctú debe ter un perímetro de case cinco quilómetros; ten a forma dun triángulo; as casas son grandes, de pouca altura e non teñen máis que unha planta; nalgunhas construíron un caseto xusto enriba da porta da entrada. Están feitas de ladrillos de forma redonda, enrolados coas mans e secados ó sol; as paredes asemellan ás das casas de Jenné, mesmo na altura.

As rúas de Tombuctú están limpas e son bastante anchas para que poidan pasar por elas tres cabaleiros de fronte; dentro e fóra da vila vense moitas cabanas de palla, de forma case redonda, coma as dos pastores fulahs; serven de acubillo ós pobres e ós escravos que venden mercadorías pola conta dos seus amos.

Tombuctú ten sete mesquitas, dúas delas grandes, que están coroadas por cadansúa torre de ladrillo, ás que se pode subir por unha escaleira interior.

Esta cidade misteriosa, que dende hai séculos chamaba a atención dos sabios, e sobre a poboación da que se tiñan ideas esaxeradas, así como sobre a súa civilización e o seu comercio con todo o interior do Sudán, está situada nunha inmensa chaira de area branca e movediza, na que só crecen matogueiras esmirradas, como a Mimosa ferruginea, que non chega a ter máis de 0,90 a 1,20 metros. A vila non está pechada por ningunha cerca, e pódese entrar nela por calquera lado. Dentro do recinto e ó seu arredor hai algúns Balanites aegyptiaca (mirobálanos de Exipto) e unha palmeira de Tebas (Hyphaene thebaica) situada no centro.

En Tombuctú viven de dez a doce mil habitantes, todos eles comerciantes, incluídos os mouros establecidos alí. Veñen con frecuencia moitos árabes, traídos polas caravanas, que paran na vila e fan aumentar momentaneamente a poboación. Lonxe, na chaira, crecen algunhas gramíneas, mesturadas con cardos, das que se alimentan os camelos. Nos arredores é moi raro atopar leña, e hai que ir preto de Cabra para conseguila; a leña é obxecto de comercio, vendéndoa as mulleres no mercado. Só a queiman os ricos, tendo os pobres que utiliza-la bosta dos camelos. A auga tamén se vende no mercado; as mulleres dan unha medida de arredor de medio litro por un caurí.

Tombuctú, malia ser unha das vilas máis grandes que teño visto en África, non ten máis recursos que o seu comercio do sal, pois a terra non vale practicamente para o cultivo. Trae de Jenné todo o que lle fai falta para o seu aprovisionamento: millo miúdo, arroz, graxa vexetal, mel, algodón, tecidos do Sudán, artigos confeccionados, candeas, xabón, pemento, cebolas, peixe seco, pistachos, etc.

Se as embarcacións que veñen de Cabra fosen detidas durante a viaxe polos tuaregs, os habitantes de Tombuctú atoparíanse na fame máis terrible. Para evitar esta desgracia, procuran que os seus almacéns estean sempre amplamente fornecidos de toda clase de comestibles. Comprobei que os de Sidi-Abdallahi estaban cheos de grandes sacas de arroz, gran que se conserva moito máis tempo có millo miúdo.

Este factor impide que as flotillas de embarcacións que baixan polo río ata Cabra loiten contra os tuaregs, malia todo o que teñen que sufrir por mor das esixencias daqueles. Aseguráronme que se chegaban a atacar a un deses salvaxes, os tuaregs faríanlle a guerra inmediatamente a Tombuctú e cortarían toda a comunicación co seu porto, e neste caso a vila non recibiría socorro de ningún lugar.

No oeste e o noroeste da vila fixéronse grandes escavacións, que teñen de dez a doce metros de profundidade; conteñen auga ata unha grande altura, que as choivas van repoñendo. Os escravos van alí buscar auga para beber e para cociñar; esta auga é bastante clara, pero ten un gusto desagradable e está moi quente.

Como esta especie de reservatorios están enteiramente a ceo aberto, a auga neles recollida recibe toda a forza do sol e dun vento ardente. Estas escavacións formáronse nunha area case movediza; baixei á máis grande delas por unha pendente bastante suave; o fondo do buraco, que non está enteiramente cheo de auga, deixa aínda bastante sitio para pasear. Observei algunhas vetas de area vermella e dura; o resto é de area gris dun gran un pouco groso.

Arredor destes buracos hai pequenas leiras de tabaco; esta planta non medra máis de trece a catorce centímetros, e isto a forza de regala: é o único cultivo que vin neste país. Había negros recolléndoa, e observei que xa estaba granada; poñen a seca-las follas e logo mázanas no morteiro. Consómeno tal cal, sen outra preparación; é un po verde que non ten nin o cheiro do tabaco. Véndese no mercado, pero a xente rica só consome o que vén de Marrocos, que é de moita mellor calidade. Os habitantes de Tombuctú non fuman, mais os mouros nómades que viven nos arredores utilizan a pipa.

Os escravos collen a auga con cabazas primeiro, e logo enchen sacos de coiro, que poñen enriba dos seus burros. Ora, antes de faceren este traballo, divírtense un pouco bailando, pois malia seren escravos gardan sempre unha grande alegría. Cando chegan á casa do seu amo verten a auga en cántaros nos que se refresca e perde un pouco do seu mal gusto. Había varias mulleres lavando roupa en grandes cabazas preto das escavacións.

A dúas horas de camiño ó nordés de Tombuctú está a vila de Busbehey, con casas feitas de ladrillo de area arxilosa; pertence á tribo de Zauât, que percorre o deserto deste nome. Os habitantes de Busbehey dedícanse ó comercio do sal, que van buscar á pequena vila de Tudeyni. Teñen moitos camelos, que son a súa principal riqueza; beben o leite dos camelos e ademais fan manteiga con el. Non teñen máis que unhas poucas ovellas e vacas.

Os comerciantes de Tombuctú márcanlles algúns animais para o seu consumo cotián dándolles a cambio millo miúdo e arroz. Porque estes infelices viven nun solo enteiramente estéril que a penas lles dá un pouco de forraxe para os seus camelos. Os mesmos comerciantes mercan o sal en Tudeyni trocándoo por millo miúdo, arroz, tecidos e ouro. Penso que Busbehey e Tudeyni, como unicamente poden contar co gran que os comerciantes de Tombuctú reciben de Jenné, tamén se atoparían na fame se quedase cortado o comercio entre esas dúas vilas.

O país de Salah, tribo errante coma a de Zauât, está situado ó leste e a dez días de camiño: os seus habitantes veñen con frecuencia a Tombuctú para facer comercio; teñen moitos rabaños de camelos e aliméntanse do leite destes; tamén sacan un pouco de gran do comercio que fan con esta vila. Segundo me contou o meu anfitrión, non existe ningunha relación nin comunicación por auga entre esta vila e o país de Haussa porque, díxome, a navegación polo río para en Cabra.

Os negros e mailos mouros ocúpanse unicamente do seu comercio; teñen coñecementos moi limitados da xeografía; tódolos que lles pedía que me desen datos sobre o curso do río ó leste e ó leste-sueste da súa vila coincidiron e dicirme que pasa por Haussa e que se perde no Nilo. Non puiden obter datos máis seguros, e a cuestión do gran problema de ónde baleira as súas augas o Dhioliba no océano terá que resolvela un viaxeiro máis afortunado; emporiso, se é que se me permite da-la miña opinión respecto do curso deste río, tamén me inclino a crer que vai perderse no golfo de Benín por varias desembocaduras.

Os mouros de Trípoli e os de Ardamas van face-lo comercio en Haussa, levando mercadorías de Europa e exportando a cambio moito ouro que vén do rico país de Uangara. Logo veñen a Tombuctú con pezas de fermosos tecidos daquel país; estes panos técense con largos pequenos, tínguense dunha bela cor azul e abrillántanse ben con goma. O meu anfitrión amosoume unha peza que me pareceu moi belida e semellante ás que fabrican os negros que habitan máis ó norte; vinas en Galam, en 1819, traídas de Segú, e estaban feitas polos bambaras; esas estaban tan ben abrillantadas coma as que vin en Tombuctú. Polo regular, os negros do Senegal teñen en moita estima estes tecidos.

Como nos arredores de Tombuctú non hai pastos (pois os camelos malamente atopan qué pastar alí) tráese de Cabra moita forraxe, que os habitantes desta vila recollen nas brañas e logo poñen a secar para vendela á xente da vila que ten animais que alimentar, como cabalos, vacas, ovellas ou cabras; esta forraxe amontóase sobre o teito das casas. Tombuctú e os arredores presentan un aspecto de gran monotonía, o máis árido que xamais vin; non obstante, puiden ver, a pouca distancia da vila, un rabaño de camelos espallados polo campo, pacendo por aquí e por alí nos poucos cardos secados polo vento ardente do leste, así como ramiñas novas de Mimosa ferruginea, cunhas longas espiñas, semellantes ás do espiño, que non lles impedían a eses animais devoralas. Dixéronme que pertencían ós mouros que fan viaxes a través do deserto.

Tódolos habitantes nativos de Tombuctú son afervoados mahometanos. A súa vestimenta é a mesma cá dos mouros. E teñen catro mulleres coma os árabes; pero non teñen, coma os mandingas, a crueldade de tundilas, sen embargo; tamén están encargadas de leva-la casa. É certo que os habitantes de Tombuctú, que están constantemente en relación cos pobos semicivilizados do Mediterráneo, teñen certas ideas respecto da dignidade do home. Sempre observei nas miñas viaxes que é nos pobos menos civilizados onde a muller está máis sometida. Polo tanto, o belo sexo en África tería que facer votos polos progresos da civilización. En Tombuctú, as mulleres van tapadas cun veo, coma no imperio de Marrocos; saen cando queren e son libres de ver a quen lles pete. Os habitantes son xente doce e afable coa xente allea; son industriosos e intelixentes no comercio, que é a súa única actividade: a maioría dos negociantes son ricos e teñen moitos escravos. Os homes son de estatura mediana, ben feitos, andan moi dereitos e con alancada firme; a pel é dunha belida cor moura escura; teñen o nariz un pouco máis aquilino cós mandingas e, coma eles, beizos miúdos e fermosos ollos. Vin mulleres que se podían considerar moi fermosas. Todos se alimentan ben e comen arroz ou peixes secos; fan dúas comidas ó día. Os negros que teñen boa posición, así coma os mouros, almorzan con pan de trigo, té e manteiga de vaca; soamente os negros que son de clase inferior comen manteiga vexetal. Polo regular, os negros non teñen unha vivenda tan boa coma os mouros; estes teñen sobre eles un grande ascendente e crense moi superiores.

Os habitantes de Tombuctú miran moito pola limpeza dos seus vestidos e do interior das súas casas. Como utensilios para comer utilizan cabazas e pratos de madeira; non coñecen o uso de culleres e garfos, e pensan que, coma eles, tódolos pobos da terra comen cos dedos; para sentar non teñen outro mobiliario que esteiras; o seu leito componse de catro estacas cravadas no chan nun extremo do cuarto, e sobre elas estenden unha esteira ou unha pel de vaca. Os ricos teñen un colchón de algodón e un cobertor feito polos mouros dos arredores co pelo dos camelos e a la das súas ovellas. Vin unha muller en Cabra que estaba a tecer eses cobertores.

Como xa dixen, teñen catro mulleres, pero moitos engaden escravas; os mouros só escollen escravas como mulleres: utilízanas para ofrece-las mercadorías na rúa, como noces de cola, pemento, etc; ademais coidan no mercado dunha pequena tenda, mentres que a favorita queda na casa para vixia-las que se encargan de facer de comer para todos, mais é ela quen prepara as comidas do seu home. Estas mulleres levan vestidos moi limpos; a súa vestimenta consiste nunha túnica (coussabe) coma a dos homes salvo que non ten mangas tan anchas; ademais calzan chinelas de marroquí. A moda varía no que fai ó peiteado, que maiormente consiste nun fatara (especie de turbante) de fermosa muselina ou outro tecido de algodón europeo. Trenzan os cabelos con moita arte: a trenza principal é grosa coma o polgar; parte de detrás da cabeza, vénse inclinar por diante e remata collida nun cacho redondo de cornalina, furado no medio; debaixo desta trenza meten un pequeno coxín para sostela e completan este adorno con moitos outros perifoles como falso ámbar, falso coral e anacos de cornalina traballados como o coral. Tamén teñen o costume de untar con manteiga a testa e mailo corpo, pero non tanto coma as mulleres bambaras e as mandingas. Téñeno que facer por causa da calor enorme que vai, aumentada polo ardente vento do leste. As mulleres ricas levan arredor do pescozo e nas orellas moitos adornos de vidro, e como en Jenné levan un anel no nariz; as que non son bastante ricas substitúen este anel por un retallo de seda vermella; poñen pulseiras de prata e, arredor dos nortellos, aneis de ferro prateado que se fabrican no país; no canto de seren de forma redondeada, coma os dos brazos, estoutros aneis son planos e teñen case once centímetros de ancho; neles gravan belos debuxos.

As escravas dos ricos levan algúns adornos de euro ó pescozo: en vez de pendentes, coma nos arredores do Senegal, levan pequenas placas a modo de colar. Poucos días despois de chegar a Tombuctú atopei cun negro que paseaba dúas pola rúa, ó que recoñecín porque cruzara comigo na mesma piragua; esas dúas mulleres xa tiñan uns cantos anos, pero o seu amo, para que parecesen máis novas para vendelas, tíñaas moi ben vestidas; levaban fermosas túnicas brancas e, nas orellas grosos pendentes de ouro, e cada unha delas dous ou tres colares do mesmo metal. Pasei preto delas e miraron para min sorrindo, e non parecían nada enfastiadas de que as paseasen pola rúa para vendelas, indiferencia que atribuín ó estado de embrutecemento no que as ten a escravitude e a ignorancia absoluta dos dereitos naturais da especie humana. Cren simplemente que as cousas teñen que ser así e que están feitas para ese tráfico.

Os negros das aldeas de Dirimans, Malakas e Kissurs, situadas nas ribeiras do río, veñen a Tombuctú nas súas piraguas para traer escravos, marfil, peixes secos, olas de barro e outras varias cousas que venden a cambio de abelorios, ámbar, coral e sal. Ó sur de Tombuctú hai un país chamado Ginbala, que se mete moi para dentro: os seus habitantes son todos musulmáns, segundo me dixeron; veñen moi pouco a Tombuctú por mor da veciñanza dos tuaregs, ós que temen. Son moi traballadores, cultivan moito millo miúdo e un pouco de arroz, son moi hospitalarios cos estranxeiros, e teñen moitos rabaños de vacas, ovellas e cabras; cultivan algodón, co que fan tecidos para se vestir. Prefiren ir á feira a Jenné, onde non teñen nada que temer.

Os fulahs que viven nos arredores do río tamén veñen a Tombuctú, e os que puiden ver tiñan todos a fisionomía e a cor dos que viven no Futa Yalón; ían armados con varias picas. Vin moi poucos.

En Tombuctú, o comercio vese moi estorbado pola veciñanza dos tuaregs, unha nación belicosa que impón o seu xugo ós habitantes desta cidade. Estes, para poder comerciar con liberdade, danlles, por así dicilo, o que eles esixen, á parte dos dereitos que pagan as embarcacións ó chegar a Cabra; se non o fixesen, atoparíanse con leas porque os tuaregs son moi numerosos e bastante fortes para prohibiren toda comunicación entre Tombuctú e Cabra, caso no que esta vila, que non posúe ningún recurso agrícola, habíase ver reducida á fame máis grande, e o mesmo lles pasaría ós países veciños. Os mouros teñen un profundo desprezo polos tuaregs, e cando querían expresarme todo o odio que senten por esa xente comparábana ós cristiáns, que os mouros cren que son tan vagabundos coma eles. Apresureime a desfacer ese erro que está moi arraigado nos mouros: díxenlles que non se podían compara-los europeos con eses saqueadores; que os europeos non roubaban xamais e que estaban sempre dispostos a axudar ós seus semellantes. "Pois se son tan bos –contestáronme–, ¿por que non quedaches con eles?". Esta pregunta amoloume un pouco, pero respondín que Deus non o permitira, xa que me dera a idea de volver ó meu país para recupera-la relixión dos meus pais.

A casa do meu anfitrión Sidi estaba sempre chea de árabes e de tuaregs que viñan pedir algo constantemente: esta xente só vén a Tombuctú para arrincar ós habitantes o que eles chaman agasallos e que habería máis ben que chamar doazóns forzadas; vinos moitas veces ficar sentados no patio e pedindo que lles desen de comer ata que o amo lles entregaba o trabuco que esixían. Veñen sempre a cabalo e hai que darlles forraxe para as bestas.

Cando o xefe desta xente chega co seu séquito a Tombuctú é unha calamidade xeral, e nembargantes cada quen éncheo de atencións e de agasallos para el e mailos seus; ás veces permanece dous meses, sempre alimentado á conta dos veciños e de El-rei, que lle dá regalos de máis valor; volven ás súas casas cargados de millo miúdo, arroz, mel e diversos artigos.

Os tuaregs ou surgus son o mesmo pobo: o primeiro nome é o que lles dan os mouros, o segundo é o que lles dan os negros: son nómades e viven nas ribeiras do Dhioliba, dende a aldea de Diré ata os arredores de Haussa, que, segundo me dixo o meu anfitrión, está a vinte días ó leste-sueste de Tombuctú, nunha vasta comarca do mesmo nome regada polo río.

Os tuaregs teñen dominados, polo terror das súas armas, a tódolos negros veciños deles, que son obxecto do máis horrible bandoleirismo polos tuaregs. Estes teñen, coma os árabes, fermosos cabalos gracias os cales poden face-las súas incursións: a xente exposta a estas accións tenlles tanto medo ós tuaregs que abondan tres ou catro para aterrorizar a cinco ou seis aldeas. En Tombuctú non deixan saír ós escravos da vila despois do solpor por medo a que sexan secuestrados polos tuaregs, que se apoderan pola forza dos que caen nas súas mans e converten en moito máis deplorable a sorte destes infelices. Vin escravos nas súas pequenas barcas, case enteiramente nus, e ameazados a cada momento polos seus amos con tundilos.

Os tuaregs posúen moitos animais: teñen moitos rabaños de ovellas, vacas e cabras, que lles dan leite e carne de abondo para alimentarse. Os seus escravos recollen os grans dos nenúfares, que son moi comúns en tódalas brañas dos arredores; fan que sequen os grans e despois penéiranos; estes grans son tan finos que non é preciso machucalos. Logo cócenos co peixe. Estes pobos nómades non cultivan terras: os escravos que teñen soamente coidan dos seus rabaños; para o seu consumo, os tuaregs non contan con máis cereal que aquel que lle quitan ás embarcacións que van de Jenné a Tombuctú. No tempo das enchentes, os tuaregs retíranse un pouco para o interior, onde atopan bos pastos; posúen moitos rabaños de camelos, o leite dos cales é un recurso sempre seguro.

Os fulahs que viven nos arredores do río non están sometidos a eses bárbaros: esta raza, ben superior á raza puramente negra, está chea de enerxía; é demasiado belicosa para soportar un xugo tan vergoñento. Estes fulahs non falan a lingua peul do Futa Yalón; díxenlles algunhas palabras nesa lingua e non me entenderon. Falan a lingua de Tombuctú, e ademais empregan un idioma particular; que falan entre eles. Tódolos que vin nas ribeiras do río son tamén nómades.

Vin algunha vez camelos dos tuaregs transportando mercadorías de Cabra a Tombuctú. Son os tuaregs máis pobres os que fan este traballo do que sacan algún beneficio. Os demais son demasiado orgullosos para se decidiren a traballar; limítanse a vender en Tombuctú algunhas vacas e ovellas para o consumo normal da vila, pois aquí o leite é moi caro e non tan bo coma nas ribeiras do río.

Os tuaregs, o mesmo ca tódolos musulmáns, teñen varias mulleres: as máis buscadas son as que están gordas e ben cebadas; para que ós ollos dos tuaregs unha muller sexa unha verdadeira beleza ten que ter unha gordura tal que xa non poida camiñar sen a axuda de dúas persoas.

Van vestidas coma as mouras das ribeiras do río Senegal, pero en vez dunha guinea azul poñen mantelas azuis que veñen de Jenné e que os negociantes de Tombuctú lles conseguen; as que vin ó pasar preto do campo do xefe parecéronme moi sucias. Os homes tampouco me pareceron máis limpos: levan, coma os negros de Tombuctú, unha túnica branca ou azul, e un pantalón que lles chega ata o nortello, coma o que se leva en Jenné e en Tombuctú. Os escravos visten calzóns curtos semellantes ós dos mouros que habitan nas ribeiras do Senegal. A vestimenta dos tuaregs só se diferencia da dos mouros polo peiteado; teñen o costume de levar, día e noite, unha banda de tea de algodón que lles pasa pola fronte, baixa sobre os ollos, e mesmo chega ata o nariz, polo que teñen que erguer un pouco a cabeza para poderen ver; a mesma banda, despois de dar unha ou dúas voltas sobre a cabeza, pasa por debaixo do nariz e descende ata un pouco máis abaixo do queixelo, de xeito que non se lles ve máis cá punta do nariz: non a sacan nin para comer, nin para beber, nin para fumar; o que fan é erguer esta banda de tea que os negros chaman fatara.

Os tuaregs fuman moito. Todos eles teñen fermosos cabalos e son bos cabaleiros: belicosos, pero crueis, van todos armados con tres ou catro picas e un puñal que levan no brazo esquerdo; a folla lévana mirando cara a arriba, e o mango vai rozando a parte exterior da man; na funda do puñal hai un manchon (manguiño) polo cal se pasa a man; estes puñais son rectos, e están bastante ben feitos; tráenos das ribeiras do Mediterráneo. Estes homes levan ademais escudos feitos de coiro de vaca curtido que están traballados con moito gusto, ora que son cadrados nos extremos; están cubertos de belidos debuxos e son bastante grandes como para cubrir todo o corpo. Algúns negros de Tombuctú tamén teñen escudos parecidos, pero moito máis pequenos. Os tuaregs só loitan coa lanza e co puñal; van sempre a cabalo; non utilizan xamais o arco, pois os escudos estorbaríanlles para servirse del con utilidade. Estes pobos nómades levan os cabelos longos, teñen a pel moi escura, coma os mouros, o nariz aquilino, ollos grandes, unha fermosa boca, a figura longa e a fronte un pouco erguida; a expresión da súa fisionomía é salvaxe e bárbara: están considerados como unha raza de árabes e, en efecto, teñen en parte os mesmos costumes, pero falan unha lingua particular. Forman grandes grupos para ataca-las caravanas procedentes de Trípoli: as que veñen de Marrocos están menos expostas ó seu bandoleirismo porque os tuaregs espállanse máis na rexión do norte. Teñen moitos escravos que están encargados en parte de recolle-la goma arábiga que producen as acacias das ribeiras do río; logo véndenllela ós negociantes de Tombuctú xunto con grandes cantidades de marfil.

É asombroso que un número tan grande de poboacións siga suxeita apraciblemente ó xugo envilecedor e ruinoso destes tuaregs, xa que se decidisen xuntarse e poñerse de acordo poderían esmagalos moi facilmente. Os dirimans, os qinbalas, os kissures e mailos mouros das tribos de Zauât e Salah, xuntos, serían moi superiores ós tuaregs e liberaríanse deles para sempre. Os tuaregs teñen medo das armas de fogo e non fan uso delas xamais, mentres que tódolos negros de Tombuctú e os mouros das tribos van armadas de fusís de dobre canón.

Os fulahs dos arredores de Jenné, conducidos polo seu xefe, Ségo-Ahmadú, viñeron atacar ós tuaregs. Os fulahs eran poucos, por mor de que estaban lonxe do seu país e tamén das dificultades para ter viandas de reserva, pero isto non lles impediu saír victoriosos; fixeron moitos prisioneiros tuaregs, ós que logo lles deron morte, e levaron con eles unha chea de escravos e de gando, que enriqueceron ós vencedores. Esta desfeita proba que os tuaregs non son tan de temer como parece e que non son ousados contra os que lles teñen medo. Se a xente á que teñen dominada decidise, co apoio dos mouros, sacudi-lo xugo, 1ograríano rapidamente, mais os negros, polo regular, son preguiceiros, e os mouros, xente dada ó comercio, non teñen ardor guerreiro. Ségo-Ahmadú, indignado de ver ós tuaregs, que son musulmáns pero non moi afervoados, esixir taxas ás embarcacións que veñen do seu país, decidiu facérlle-la guerra, pero está afastado de máis para sostela durante moito tempo. Penso que estes homes bárbaros pode ser moi ben que matasen ó explorador Mungo Park.

Despois de catro anos de estancia en Jenné ou en Tombuctú, os mouros volven á súa terra cunha pequena fortuna; levan con eles moitos escravos; nembargantes, a maioría prefire facer comercio en Sansandinq e Yamina, porque están preto das minas de ouro de Buré, das que sacan moito metal. Tombuctú e Jenné non se beneficien desta vantaxe porque a guerra de Ségo-Ahmadú cos bambaras, que é case continua, corta as comunicacións comerciais. Os árabes que veñen de Tafilet, Adrar, Trípoli e outros países traen a Tombuctú fariña triga, coa que se fan uns boliños con lévedo: estes boliños son redondos e pesan media libra; saben moi ben e por corenta caurís (catro dos nosos céntimos) pódese mercar un. Os comerciantes ricos, como creo que xa dixen, comen deses boliños cando beben o té. Teñen teteiras que lles traen de Marrocos; as que vin eran de estaño, con pequenas cuncas, coma as de Sidi-Ulad-Marmú en Jenné. Tódolos negros de Tombuctú son capaces de le-lo Alcorán e sábeno mesmo de memoria; fan que os seus fillos o aprendan moi cedo, sexa porque llelo ensinan eles mesmos, sexa porque encomendan a educación dos rapaces ós mouros, pois pensan que son máis instruídos. Tamén utilizan a escritura para a súa correspondencia con Jenné.

As viandas son moi caras en Tombuctú, e estaría ben amolado se, como en Timé, tivese que merca-la miña comida; esgotaría rapidamente os meus cartos, así que foi gracias ó bo e xeneroso Sidi-Abdallahi Chebir como puiden volver atravesando o gran deserto. Soamente tiña a cantidade real de trinta e cinco piastras en mercadorías, que eu reservaba para mercar un camelo para poder chegar ata o mar, fose cruzando o gran deserto, fose volvendo polo oeste. Confeso que atravesa-lo Sáhara nunha estación tan seca dábame moito medo; temía non poder soportar, con tan poucos medios, as privacións e mailo cansazo, agravados por un vento ardente que sopra constantemente e fai que a calor sexa asfixiante; non obstante, e despois de pensalo moito, decidín vence-los perigos ós que me expoñería a grande sequidade e aventurarme cunha caravana nas areas movedizas do deserto. En efecto, pensei que se volvía por Segú, Sansanding e os nosos postos de Galam, os envexosos do éxito dunha viaxe ou empresa que xa me creara tantos inimigos porían en dúbida a miña chegada e a miña estadía en Tombuctú, mentres que, se volvía polos Estados berberiscos, o punto polo que chegase imporía silencio a todo o mundo.

Sidi-Abdallahi dábame tódolos días novas probas do seu bo corazón; chegou a pedirme que ficase en Tombuctú: daríame, díxome, mercadorías para face-lo comercio pola miña conta, e cando tivese reuinido beneficios, podería volver ó meu país sen o socorro de ninguén. O medo que tiña a que me descubrisen, xunto co desexo de volver a ve-la miña patria, forzáronme a rexeita-las súas xenerosas proposicións. Ademais, como a miña partida para o interior de África non era coñecida verdadeiramente, sería esquecida se chegaba a morrer, e perderíanse para o meu país as observacións que tivese feitas. Estas consideracións empuxáronme a volver canto antes puidese. Como a ocasión coa que eu contaba no había tardar moito en presentarse, tratei de aproveita-lo pouco tempo que me quedaba. Fun visita-la gran mesquita do oeste: é máis grande cá do leste, pero está construída da mesma maneira; as paredes están mal coidadas; o revoco está estragado polas choivas que caen nos meses de agosto, setembro e outubro, as cales son traídas sempre polos ventos do leste e veñen acompañadas de treboadas violentas. Levantaron contrafortes contra as paredes para evitar que estas viñesen embaixo. Subín á torre por unha escaleira interior que está case derrubada; volvín varias veces á torre para escribir alí as miñas notas, pois como é un lugar pouco frecuentado, evitaba que me visen. Durante a miña viaxe procurei sempre agacharme para escribir, co fin de non esperta-la atención sospeitosa dos musulmáns; sempre busquei un bosque para pór por escrito, agachado tras dunha matagueira ou unha pena, todo o que me pareceu digno de subliñar.

Do alto da torre podía mirar, a unha grande distancia, unha chaira inmensa de area branca, na que soamente crecen fráxiles arboriñas, as Mimosa ferruginea; algunhas dunas ou pequenos outeiros de area que se elevaban por alí e por acolá rompían un pouco a uniformidade da escena. Miraba con asombro esta cidade que naceu no deserto por mor do comercio, sen outros recursos que os que pode obter gracias ós trocos. A parte oeste da mesquita pareceume dunha construcción moi antiga; toda a fronte deste lado está en ruínas; aínda poden verse nese lado arcadas abovedadas ás que lles caeu enteiramente o revoco. Este edificio está construído con ladrillos secados ó sol, bastante semellantes ós nosos. As paredes están revocadas con area grosa, parecida á area coa que se fan os ladrillos, mesturada con gluma do arroz. Nalgunhas partes do deserto atópase unha terra da cor da cinsa, moi dura, na que domina a area; é con esta terra coa que están feitos os ladrillos da mesquita. As demais partes do edificio parece que están construídas moito despois das ruínas do lado oeste; aínda que a obra estea bastante ben feita para un pobo que descoñece as regras da arquitectura, é ben inferior a parte máis vella.

Con pasmo observei nese parte vella tres galerías sostidas por dez arcos cada unha, tan ben feitas coma se fosen construídas por un home do oficio: estes arcos teñen un metro oitenta de ancho e dez metros de alto; o revoco, en bastante bo estado, debeu estar branqueado con cal, a xulgar pola cor esbrancuxada que aínda conserva. Esta construcción pódese relacionar coas ruínas, sexa polo estilo, sexa pola situación. Teño a impresión de que antigamente a mesquita só tiña esta parte e que, lle engadiron novas construccións despois, circunstancia que me pareceu notable.

A parte do leste componse de seis galerías; as do oeste están sostidas por dezanove piares; as aberturas teñen cada unha dous metros de ancho e tres ou tres trinta de alto. A obra, aínda que bastante ben feita, está lonxe de asemellarse á da outra parte, como xa dixen. As tres primeiras galerías do lado leste teñen cento catro pasos normais de longo e dous e medio de ancho; as tres seguintes no teñen máis que sesenta e catro; as da parte oeste soamente teñen trinta e nove pasos: na prolongación destas últimas galerías atópase a gran torre que está fronte a un patio interior pechado cara ó oeste polas ruínas; é de forma cadrada e está rematada por unha pequena pirámide truncada, tamén de ladrillos, coroada por un pote de barro cocido. A torre terá, dende a base ata o remate, de quince a dezaseis metros de alto. Os chanzos da escaleira construída no interior da torre están sostidos por anacos de madeira metidos nas paredes e recubertos de terra: o mal estado dos chanzos non me permitiu contalos exactamente; estaban gastados nas esquinas, pero aínda así puiden nota-la marca de trinta e dous.

Os muros da mesquita teñen catro metros e medio de alto e de sesenta e dous a sesenta e cinco centímetros de groso. O da fachada que mira ó oeste está dentado no remate en forma de ameas, e as súas partes saíntes están coroadas por potes de barro cocido, semellantes ó pote colocado sobre a cimeira da torre.

Enriba desta fachada hai outra torre maciza, de forma cónica, que ten unha altura de arredor de nove metros; da cimeira desta torre vense saír anacos de madeira que penso que os colocaron para uni-la cachotería.

O tellado da mesquita e o alto da torre están construídos en forma de terraza, e ademais están rodeados por un parapeto de corenta e cinco centímetros de alto.

O tellado do edificio está sostido por troncos de palmeira de Palmira fendidos en catro; estas trabes están separadas trinta centímetros unhas doutras; anacos de madeira de salvadora (Salvadora persica) que se traen de Cabra, onde abunda este vexetal, córtanse do mesmo longo cá distancia entre as trabes e colócanse oblicuamente en dobre ringleira e en cruz; enriba póñense follas de palmeira de Palmira recubertas de terra.

Esta mesquita ten cinco portas de diferentes tamaños no lado leste, tres no sur e dúas no norte. No lado oeste, son as ruínas as que forman os límites da mesquita ó mesmo tempo cós da cidade. No lado do leste e no do norte, o chan é do mesmo nivel, pero polo sur hai que subir catro chanzos para entrar na mesquita.

No muro do leste, no interior, hai adornos feitos con terra amarela; teñen a forma de espiga ou de festón triangular, de corenta e cinco centímetros de abertura e sesenta centímetros de alto; comezan a corenta e cinco centímetros do chan. Os piares que sosteñen os arcos, en fronte, teñen tamén algúns debuxos feitos do mesmo material e son bastante correctos; moitos están borrados. Unha especie de nicho escavado no medio do muro do leste está destinado ó marabú que di a pregaria; noutro buraco parecido vese unha gran tribuna de madeira na que ese ministro do culto sobe dous ou tres chanzos os días nos que le varias pasaxes do Alcorán. O chan da mesquita está cuberto de esteiras nas que a xente se prosterna para pregar.

Coidando que esta descrición non daría unha idea exacta da construcción desta mesquita, senteime na rúa, en fronte, e cubrinme co meu grande cobertor, que dobrei sobre os xeonllos; na man tiña unha folla de papel branco á que lle engadín unha páxina do Alcorán, e cando vía vir alguén do meu lado, escondía o meu debuxo no cobertor e gardaba a folla do Alcorán na man, coma se estivese estudiando a pregaria. A xente que pasaba, lonxe de sospeita-lo que eu estaba a facer, mirábame coma se fose un predestinado e loaba a miña devoción.

A mesquita do leste é moito máis pequena cá do oeste. Tamén está coroada por unha torre cadrada da mesma forma e as mesmas dimensións cás da grande; ós muros caeulles enteiramente o recebo; engadíronlles moitos contrafortes para soste-lo edificio; hai tres galerías de arcos, e cada galería ten un metro oitenta de ancho e trinta pasos de longo.

A mesquita ten trinta pasos de longo e vintecinco de ancho; os arcos, que teñen cento cinco centímetros de abertura e dous metros vinte de alto, están feitos cos mesmos ladrillos cós da mesquita do oeste; hai un patio interior no que se entra para subir á sala de oración. Esta mesquita non ten ningunha das súas partes en ruína, pero parece moi antiga; a construcción é un pouco regular. Vin dúas portas no sur e unha no norte. Os lados do oeste e mais do leste non teñen ningunha abertura. Preto da mesquita, polo oriente, vense unha pequena duna de area non moi alta e varias casas cubertas polas areas movedizas que empuxa o vento do leste.

No medio da vila hai unha especie de praza rodeada de cabanas redondas; na praza hai varias herbas das carrochas (Palma christi) e unha palmeira de Tebaida , a única que vin no país; no centro desa praza escavaron un gran buraco para tirar nel o lixo. Dous enormes outeiros que hai fóra da vila, ó sur da mesquita, parecéronme tamén nada máis que un montón de lixo ou de rebos; subín varias veces a eles para examina-la vila no seu conxunto e face-lo seu bosquexo.

Unha terceira mesquita, bastante notable, atópase case no centro da vila; ten tamén unha torre, pero menos alta cás outras; só ten arcadas cadradas; as naves teñen dous metros dez de largo e sete metros cincuenta de longo; o muro da fachada desta mesquita está adornado con moitos ovos de avestruz; tamén os hai no remate da torre. Na parte oeste hai un patio moi grande, que ten no medio, como ornamentación, un Balanites aeqyptiaca (mirobálano de Exipto). Detrás da mesquita, cara ó oeste, crecen algúns pés de salvadora.

Hai outras cinco mesquitas, pero son pequenas e están feitas coma as casas da xente; a única diferencia é que cada unha ten un minarete; teñen todas elas un patio interior, no que se reúnen os fieis polo serán para face-las cerimonias. Os almuadens que chaman á oración non reciben salario ningún, mais en épocas fixas berran dende o alto dos minaretes para recordarlles ós fieis que chegou o momento de pagárlle-lo seu traballo. Estando eu en Tombuctú cadrou unha desas épocas: cada quen apresurouse a entregárlle-la súa ofrenda, que consistía en pan, millo miúdo, arroz, peixe seco, pistachos e caurís, depositando todas estas cousas sobre unha esteira estendida no chan, diante da porta da mesquita.

Vin bastantes mouros ós que lles intrigaba a miña situación; facíanme preguntas respecto dos usos dos europeos e do trato ó que me someteran os cristiáns. Pola miña banda, trataba de que eles me desen informacións sobre os pobos dos arredores e sobre a distancia que había desde os seus países a Tombuctú, pero, lonxe de me responder, facían coma se non entendesen e volvían a cabeza para falar con outro. Por desgracia, non tiña bastantes recursos para agasallalos, e por iso puxéronme o alcume de le meskine (o pobre). As poucas informacións que obtiven en Tombuctú foron as que me proporcioaron Sidi-Abdallahi Chebir, o meu anfitrión, así como varios negros kissures, os únicos que tiveron a xentileza de contestar ás miñas preguntas. Non teñen ningunha idea exacta sobre o curso do río ó leste da cidade: o meu anfitrión aseguroume que pasa por Haussa e xúntase co Nilo. Esta é a opinión xeral dos árabes que viven no país. En Tombuctú este río leva o nome de Bahar-el-Nil (río Nilo).

A casa que me deran para aloxamento non estaba aínda rematada, así que tiven a oportunidade de ver cómo se constrúen as casas neste país. Na vila mesma cávase un buraco de máis dun metro de profundidade do que se saca unha area gris mesturada con arxila, e con esta area fanse ladrillos redondos que se poñen a secar ó sol; estes ladrillos son semellantes ós que se fabrican en Jenné. Mozos escravos carrexan sobre a cabeza, en malas cabazas, os ladrillos, así como o morteiro, feito co mesmo material. Os albaneis son escravos, e traballan tan ben coma os de Jenné; mesmo me pareceu que os seus muros estaban feitos con máis coidado. As portas están ben feitas e son sólidas; as fiestras son táboas unidas por barras e cravos que veñen de Tafilet: péchanse con pechaduras fabricadas no país, pero que non levan nada de ferro; mesmo a chave é de madeira; nembargantes, algúns mouros utilizan pechaduras de ferro que traen da ribeira do Mediterráneo. Ningunha destas pechaduras se pecha dende o interior, senón que para isto tírase unha cadea ou unha barra posta por dentro. O tellado das casas, está sostido, coma o das mesquitas, por trabes feitas de tronco de palmira, árbore que crece nas ribeiras do río ata unha altura prodixiosa; vin algunhas que tiñan máis de trinta e sete metros; féndense os troncos en catro, e logo arredóndase cada parte para colocalos sobre os muros, e por último cóbrense con anacos de madeira, esteiras e terra, coma no tellado das mesquitas.

Cada casa forma un cadrado que contén dous patios interiores, arredor dos cales están dispostos os cuartos, que consisten cada un nun cadrado longo, moi estreito, que serve ó mesmo tempo de almacén e de dormitorio; estas pezas soamente reciben luz pola porta da entrada da casa e por outra máis pequeniña que dá ó patio interior; non teñen fiestras nin chemineas.

Os habitantes de Tombuctú non adoptaron o costume, espallado en todo o Sudán, de facer lume nas súas casas. Algúns constrúen no patio un pequeno caseto con esteiras, no que pasan o día e maila noite na boa estación, pois os cuartos son demasiado quentes para estar neles.

Déronme un deses almacéns, no que afogaba pola noite e polo día; custábame moito soporta-la calor abafante que facía alí, sobre todo pola noite, ó non haber aire; mais, ¿a onde ir nun país onde non hai árbores para se pór á sombra? Moitas veces íame refuxiar á mesquita, por se-lo lugar máis aireado e máis fresco. A calor aínda é maior a causa do vento do leste, que levanta nubes de area, escurece a atmosfera e fai máis desagradable a estancia. Os habitantes fican nas casas durante a calor do día e só saen pola maná e ó solpor. As noites son dunha calma abafante, e se ás veces vai un pouco de aire, parécese a vapor que queima e que seca os pulmóns. Sentía un malestar continuo.

A caravana que debía partir para Tafilet estaba aínda en Tombuctú por varios días e advertíranme que non sairía outra antes de tres meses, así que tomei a decisión de aproveita-la que ía saír. Tiña medo de ficar en Tombuctú tanto tempo, malia as invitacións reiteradas do meu anfitrión, que prefería, díxome, que tomase a rota de Trípoli para Ardemas, en vez da de Marrocos. Advertiume que tiña a intención de facer unha colecta no meu beneficio, pero que a miña saída tan próxima non lle deixaría tempo para facela; por último, díxome que, se quería quedar, aínda que fose varios meses, non tería que gastar nada na súa casa. Non sabía cómo defenderme de tanta amabilidade, mais tampouco quería cambia-los meus proxectos. Contesteille que tiña medo de viaxar durante a estación das choivas; Abdallahi, vendo que estaba ben decidido a marchar, díxome que ía ocuparse de atoparme un bo guía para que me conducise ata Tafilet.

Os mouros cos que ía viaxar estaban ben lonxe de ser tan amables e civilizados coma os que estaban establecidos na cidade. Tiven moitas ocasións de velos, porque viñan verme onde estaba sentado, molestábanme e mesmo me espertaban. Eran dese tipo de homes que os mouros de clase superior chaman zénaques (vasalos). Son moi ignorantes; moitos non coñecen nin as primeiras oracións do Alcorán, e sen embargo fan as cerimonias relixiosas. Pero un estranxeiro pobre e que descoñece a lingua deles é, ós seus ollos, unha persoa moi pouco recomendable pola que ata mesmo senten certo desprezo. Por conseguinte, coidei que ía sufrir moito durante a travesía polo deserto.

O meu anfitrión avisoume que alugara un camelo para min, para ir a Tafilet. Os trinta mil caurís de tecidos que me producira a venda das miñas mercadorías en Jenné serviron para paga-lo alugamento do camelo. Sidi-Abdallahi díxome que quedaría el cos meus tecidos e que lle había dar ó guía dez mitkhals de ouro ou trinta piastras.

Dediquei os últimos días que me quedaban na vila a recoller dados sobre o desgraciado final do comandante Laing, do que oíra falar en Jenné e que me confirmaran os habitantes de Tombuctú ós que lles preguntei sobre ese triste suceso. Souben que a varias xornadas ó norte desa vila a caravana da que formaba parte o comandante fora detida, na rota de Trípoli, polos tuaregs, e segundo outros polos berbiches, tribo nómade que habita preto do río Dhioliba. Laing, descuberto como cristián, foi maltratado horriblemente; pararon de baterlle cun pao cando xa creron que estaba morto. Supoño que outro cristián, que me dixeron que morrera a causa dos golpes, era un criado do comandante.

Os mouros da caravana de Laing erguérono e lograron, a forza de coidados, reanimalo. Cando recuperou o coñecemento, colocárono enriba dun camelo, pero tiveron que atalo, pois estaba moi débil e era incapaz de se soster. Os bandidos non lle deixaron case nada e roubáronlle as máis das mercadorías que levaba.

De volta a Tombuctú, Laing curou das súas feridas gracias a unha untura que trouxera de Inglaterra. A súa convalecencia foi lenta, mais a penas sufriu vexames gracias ás cartas de recomendación que lle deran uns tripolitanos, e gracias sobre todo ó apoio do seu anfitrión, tripolitano tamén, ó que fora confiado. A casa deste mouro está a carón da casa na que estiven en Tombuctú; tiven ocasión de falar con el frecuentemente e pareceume un home cheo de humanidade; varias veces deume dátiles por caridade, e o día da miña partida regaloume, para o camiño, un calzón curto de algodón azul, feito no país. Foi el quen me dixo que o comandante Laing fora recomendado por unha casa de Trípoli a un ancián mouro que, como non tiña sitio, mandouno á casa del para que lle dese hospitalidade. Segundo o que el tamén me dixo, Laing non sacara o traxe europeo e dicía que era un enviado do rei de Inglaterra, o seu señor, para coñecer Tombuctú e as marabillas que contiña. Ó parecer, o viaxeiro debuxou o plano da vila diante de todo o mundo, porque o mesmo mouro contoume, na súa fala inxenua e expresiva, que "escribira a vila e todo o que contiña."

Outros mouros ós que lles preguntei o que pasara con Laing dixéronme soamente que o comandante comía pouco e que só se alimentaba de pan, ovos e polo. Gustaríame coñecer máis cousas interesantes sobre o infortunado viaxeiro. Contáronme tamén que o torturaban con frecuencia para que recoñecese que non había máis que un Deus e que Mahomet era o seu profeta, pero limitábase sempre a contestar: "Hai un só Deus", sen engadir nada máis. En consecuencia, tratábano de cafir, de infiel, pero sen outras aldraxes; deixábano libre de pensar e de pregar á súa maneira. En efecto, Sidi-Abdallahi, o meu anfitrión, a quen lle preguntei varias veces se lle dirixiran algunha aldraxe ó cristián durante a súa estadía en Tombuctú, respondeume negativamente, movendo a cabeza, moi molesto porque a pregunta o ofendía.

Esta tolerancia ten explicación sabendo que os mouros que residen en Tombuctú son de Trípoli, Alxer ou Marrocos e que, por teren visto cristiáns nos seus países, están menos inclinados a se alarmar do seu culto e dos seus hábitos. Por exemplo, o meu anfitrión, que era de Tatta, localidade bastante próxima ó cabo Mogador, non era inimigo dos cristiáns. Por isto, compréndese facilmente que o comandante Laing puidese visitar libremente toda a vila e mesmo entrar nas mesquitas.

Parece ser que, despois de ter un coñecemento completo de Tombuctú, Laing quixo ver Cabra e o río Dhioliba, pero, como se saía da vila polo día estaría exposto ós meirandes perigos da parte dos tuaregs, que roldan constantemente nas inmediacións de Tombuctú, e lembrándose moi ben dos malos tratos de que fora obxecto por eles, decidiu partir de noite, e fixo ben, porque, se dentro da vila os tuaregs non se atrevían a dicirlle nada, habíanse vingar deténdoo tan pronto como traspasase os límites da cidade; ata non sei se non o matarían despois de roubalo.

Laing, aproveitando pois unha noite escura, chegou a Cabra e mesmo, segundo me dixeron, ata a ribeira do Dhioliba, sen que lle pasase nada. De volta a Tombuctú, o comandante desexaría ardentemente regresar a Europa por Jenné e Segú, remontando o Dhioliba, en vez de facelo polo deserto; logo chegaría ás factorías francesas do Senegal. Pero nada máis comunicárlle-lo seu proxecto ós fulahs establecidos nas ribeiras do Dhioliba (que en gran número acudiron rapidamente a Tombuctú ó espallarse o rumor da chegada dun cristián), todos declararon que non soportaban nunca que un nasarah puxese os pés no seu territorio, e que se o intentaba habían facer que se arrepentise ben de facelo.

O comandante, vendo que non había nada que obter destes fanáticos, escolleu a rota de Al-Araunan, onde esperaba unirse a unha caravana de tratantes mouros que carretaban sal a Sansanding. Mais, por desgracia, despois de marchar cinco días ó norte de Tombuctú, a caravana á que se unira encontrou co xeque Hamet Uld Habib, un vello fanático xefe da tribo de Zauât, que percorre o deserto deste nome. O xeque Hamet detivo ó comandante Laing coa escusa de que entrara no seu territorio sen o seu permiso; despois quixo obrigalo a recoñecer a Mahomet como o profeta de Deus, e mesmo lle esixiu que fixese o saúdo musulmán de obediencia (salam). Laing, que confiaba de máis na protección do paxá de Trípoli, quen o recomendara a tódolos xeques do deserto, negouse a obedecer ó xeque Hamet, quen lle reiterou con máis firmeza as súas esixencias de que se fixese musulmán. Laing non cedeu e preferiu morrer antes que someterse, decisión que fixo perder ó mundo un dos máis hábiles viaxeiros e fixo del outro mártir para a ciencia.

Un mouro do séquito do xefe dos zauâts, a quen este lle dera a orde de mata-lo cristián, mirou para o xeque con horror e refusou executa-la súa orde: "¡Como!", díxolle, "¿queres que asasine ó primeiro cristián que vén á nosa terra e que non nos fixo ningún mal? Que outros o fagan, eu non quero reprocharme a súa morte; mátao ti mesmo". Esta resposta suspendeu por un momento a decisión fatal pronunciada contra Laing; discutiron diante del un certo tempo e con calor a cuestión da súa vida ou a súa morte, e foi esta o que se decidiu. Chamaron a escravos negros e déronlle-la orde de levar a cabo a espantosa tarefa que o mouro rexeitara xenerosamente; de contado, os escravos colleron ó infeliz e un deles pasoulle un turbante polo pescozo e estrangulouno alí mesmo tirando dun extremo mentres que o seu camarada tiraba do outro. ¡Infortunado Laing...! Tiraron o corpo no deserto, onde foi pasto dos corvos e os voitres, únicos paxaros que habitan estes lugares ermos nos que a morte é a única que se encarga de darlles de comer.

Unha vez que o recoñeceran como cristián e como europeo, para o comandante a morte era mil voces preferible a un cambio, mesmo momentáneo, de relixión, porque a partir dese intre tería que renunciar á esperanza de volver a ver algunha vez Europa. A sorte de Laing, convertido en musulmán á forza, sería o máis penoso que un home podería soportar. Vil escravo de bárbaros sen piedade, exposto a constantes padecementos e perigos nun país semellante, o paxá de Trípoli reclamaríao en van; a unha distancia tan grande, o xefe dos zauâts desprezaría as ameazas do paxá e gardaría o seu prisioneiro. A decisión do comandante Laing foi quizais á vez unha mostra de intrepidez e de previsión.

Cando partiu para El Arauán, o comandante levou con el varios instrumentos de astronomía e os seus papeis, pero poucas mercadorías; recordaredes que os tuaregs llas quitaran case todas. O covarde xeque Hamet ganou pois pouca cousa co asasinato do viaxeiro inglés; tivo mesmo que reparti-lo pouco que atopou cos homes que foron instrumento do seu crime. Un mouro de Tafilet, que formaba parte da caravana, recibiu como parte súa un sextante, que, segundo me dixeron, aínda era posible atopalo no país; no que se refire ós papeis e os diarios, atópanse espallados en poder dos habitantes do deserto; o mesmo ocorreu con todo, pois cando estiven en Ghurland, unha aldea de Tafilet, vin un compás de peto, de cobre, de fabricación inglesa; non souberon dicirme de ónde viña, pero supuxen que pertencera a Laing. Sen as precaucións que estaba obrigado a tomar baixo a miña vestimenta árabe, daría unha suma elevada por obtelo, pero non podía, sen me comprometer, mostrar que concedía o menor valor a un instrumento do que se supoñía que eu tiña que ignora-lo uso.

Tralo meu paso por este país aínda quedan inmensos descubrimentos por facer, sobre todo no que se refire á xeografía e a historia natural; todo o que sufrín non debe desanimar ós exploradores futuros. Sen dúbida, os seus intentos serán igual de penosos e perigosos; nembargantes, unha empresa levada con siso e prudencia pode vencer tódolos impedimentos. Para que tivese éxito, penso que habería que viaxar de modo moi simple, sen ningún tipo de luxo, pero adoptando exteriormente o culto de Mahomet e facéndose pasar por árabe no país. Un neófito finxido non se comportaría con tanta liberdade e sería sospeitoso ós ollos de pobos tan desconfiados; penso tamén que tampouco coaría entre as poboacións negras presentándose como un cristián converso. Na miña opinión, o mellor sería, pois, atravesar, en calidade de árabe, o gran deserto do Sáhara, levando recursos suficientes e escondidos. Despois de residir algún tempo na vila musulmana que se escollese como punto de partida, e na que un tería que darse a coñecer como negociante, para non espertar ningunha sospeita, habería que mercar nesa vila unha certa cantidade de mercadorías co pretexto de ir face-lo comercio un pouco máis lonxe, e evitando ó máximo nomea-la vila de Tombuctú.

Supoñamos que o lugar escollido para saír sexa Tánxer ou Arbate; para ausentarse, darase a escusa de ir a Fez para un asunto de comercio; dende alí irase a Tafilet, sempre co mesmo fin, e de Tafilet a Tombuctú. Chegados a Tafilet, xa non haberá ningún inconveniente en falar daquela última vila porque as viaxes no Sudán son tan frecuentes que ninguén lles presta atención; habería que mercar en Tafilet mercadorías para exportalas como negociante ou mesmo como tratante; chegados á vila de Tombuctú, instalarse nela, montar unha casa de comercio, evitar por enriba de todo parecer rico, familiarizarse cos costumes do país, e mostrar moita circunspección en todo canto se refire á relixión.

Despois de ter pasado nesta vila de dezaseis a dezaoito meses, durante os cales habería que instruír varios escravos mandingas ou bambaras que falen as linguas kissur e tuareg, habería que conseguir unha boa piragua de tamaño mediano, o mellor construída que se poida atopar no país, para cargar nela as mercadorías e viandas que conveñan; isto haberá que facelo por mor da incerteza de poder conseguilas dos pobos que habitan nas ribeiras do río, e no caso en que houbese que teme-la súa inimizade. Prometéndolles ós escravos a liberdade, sería fácil convencelos para facer esta viaxe que se comezará coa escusa de comerciar río abaixo para mercar goma, marfil, etc. Non sería necesario tomar tantas precaucións se un navegase máis arriba de Cabra.

Para non espertar sospeita ningunha, no momento de marchar de Tombuctú habería que deixar algunhas mercadorías cun escravo de confianza encargado de vendelas baixo a dirección dun negociante mouro durante a ausencia do viaxeiro.

Cando xa se estea no río, na piragua, con seis escravos bos nadadores, haberá que navegar de preferencia pola noite, por mor das poboacións vagabundas, dos tuaregs ou doutros; de atopar con eles durante o día, é posible desfacerse dos mesmos ofrecéndolles algúns regalos. Este comportamento, seguido con discernimento, prudencia e reflexión, pode, na miña opinión, rematar tendo pleno éxito, e paréceme preferible a unha grande expedición, que sempre espertaría a cobiza ou a desconfianza dos indíxenas.

A rapidez da marcha da pequena piragua fará que a viaxe sexa moito menos penosa e perigosa que se se utiliza unha embarcación grande. O meu anfitrión aseguroume que Haussa non está situado máis que a unha vintena de días de Tombuctú descendendo o río, pero cunha piragua pequena ese traxecto pódese facer en doce e atinxir logo rapidamente a desembocadura do río, sobre todo se vai verter no océano. Na miña opinión, seguir este plano é moito menos perigoso que partir do golfo de Benín, onde sempre haberá grandes dificultades para remonta-lo río, quer por a causa do clima, quer por parte dos habitantes.

____

  • A palabra Nilo é xenérica, como tamén o son as palabras Bahr’Bâ, Kuava e outras semellantes.

  • Coma o dos exeipcios.

  • En terreo chan, no deserto, para escribi-las miñas notas sentaba sostendo sobre os xeonllos follas do Alcorán e facendo coma se estivese a copialas ou estudialas.

  • Xa dixen que esta palabra é un termo xenérico, e pois non se aplica necesariamente ó Nilo de Exipto.

  • Este tipo de pechaduras úsase tamén en Exipto e en Nubia.

  • Quizais Ahhdamas ou Ghdamis, palabra na que o dígrafo gh ten o son do r gutural en francés.

  • É dubidoso que o viaxeiro se expresase deste xeito.