|
Baixaba pola
última ladeira do Canigou (1) e, aínda que xa se puxera o sol, distinguía pola
chaira as casas da pequena vila de Ille, cara á que me dirixía. —¿Vostede sabe
–díxenlle ó catalán que me facía de guía dende a véspera–, vostede sabe, sen
dúbida, onde vive o señor de Peyrehorade? —¡Vaia se o sei!
–exclamou–. Coñezo a súa casa coma a miña, e se non estivese tan escuro
habíalla ensinar. É a máis fermosa de Ille. Ten diñeiro, si, o señor de
Peyrehorade; e casa o fillo cunha moza aínda máis rica ca el. —¿E ese
casamento vai ser pronto? –pregunteille eu. —¡Pronto! Pode
que xa estean contratados os violíns para a voda. Esta noite, quizais, mañá,
pasado mañá, ¡que sei eu! Será en Puygarrig, porque o fillo do señor casa coa
señorita de Puygarrig. ¡Vai ser fermoso, si! Eu ía recomendado
ó señor de Peyrehorade polo meu amigo o señor de P. Era, dixérame el, un
anticuario moi instruído e dunha amabilidade a toda proba. Estaría encantado de
amosarme tódalas ruínas en dez leguas á redonda. Así que contaba con el para
visita-los arredores de Ille, que eu sabía ricos en monumentos antigos e da
Idade Media. Este casamento, do que me falaban agora por primeira vez, alteraba
tódolos meus planos. —Vou ser un
estragafestas –pensei. Pero xa me estaban agardando; anunciado polo señor de
P., non me quedaba máis remedio que presentarme. —¿Apostamos,
señor –díxome o meu guía cando xa iamos pola chaira–, apostamos un xaruto a que
adiviño a que vén vostede á casa do señor de Peyrehorade? —Pois –respondín
eu, ofrecéndolle o xaruto–, non lle é moi difícil de saber. A estas horas,
despois de andar seis leguas polo Canigou, o asunto principal é cear. —Si, ¿pero mañá?... Mire, xuraría que vén vostede a
Ille para ve-lo ídolo, adiviñeino cando lle vin saca-los retratos dos santos de
Serrabona (2). —¡O ídolo! ¿Que
ídolo? –esta palabra excitara a miña curiosidade. —¡Como! ¿Non lle
contaron en Perpiñán que o señor de Peyrehorade atopara un ídolo enterrado? —¿Quere vostede
dicir unha estatua de terracota, de arxila? —Non, non. De
cobre, si, e debe valer ben cartos. Pésalle tanto coma unha campá de igrexa.
Atopámola moi fonda na terra, ó pé dunha oliveira. —¿E logo asistiu
vostede a ese descubrimento? —Si señor. O
señor de Peyrehorade dixéranos, hai quince días, a Jean Coll e a min, que
arrincasemos de raíz unha oliveira vella que levara a xeada o ano pasado, que
foi moi malo, como saberá vostede. E velaí que segundo traballaba, Jean Coll,
que lle daba duro, pega co pico e oio pim... coma se dera nunha campá. “¿Que é
iso?”, digo eu. Seguimos cavando, cavando, e alí aparece unha man negra que
semellaba a man dun morto saíndo da terra. Eu collo medo. Vou onda o señor e
dígolle: “¡Mortos, amo, debaixo da oliveira! Hai que chamar ó cura”. “¿Que
mortos?”, dime el. Alá vén, e aínda non ben vira a man, berra: “¡Unha
antigüidade! ¡Unha antigüidade!” Calquera diría que atopara un tesouro. E ponse
el coa pala, coas mans, a trasfegar, que case
facía tanto coma nó-los dous. —Pero, en fin,
¿que atoparon ? —Unha muller
grande, negra, medio espida, desculpando señor, toda de cobre, e o señor de
Peyrehorade díxonos que era un ídolo do tempo dos pagáns... ¡Do tempo de Carlomagno, vaia ! —Xa
vexo... Algunha Virxe de bronce dun
convento derruído. —¡Unha Virxe!
¡Ai si ho!... Ben llo había coñecer eu,
se fose unha Virxe. É un ídolo, dígollo
eu; ben se lle ve pola pinta. Fixa a vista nun con eses grandes ollos
brancos... parece coma se o observase. Baixa un os ollos, ¿eh?, cando mira
para ela... —¿Ollos brancos?
Sen dúbida están incrustados no bronce. Será quizais algunha estatua romana. —¡Romana!, iso
é. O señor de Peyrehorade di que é unha romana. ¡Ah!, ben se ve que vostede é
un sabio coma el. —¿E está
enteira, ben conservada? —¡Ai! señor, non
lle falta de nada. Aínda é máis fermosa e máis feita có busto de Luís Filipe
(3) de escaiola pintada que está no concello. Pero, con todo, a cara dese ídolo
non lle me cae nada ben. Ten cara de mala... e é mala. —¡É mala! ¿Que
maldade lle fixo a vostede? —A min
precisamente non; pero xa verá. Eramos
catro para poñela de pé, e máis o señor de Peyrehorade, que tamén tiraba da
corda, ¡aínda que non lle ten máis forza ca un pito, o bo do home! Con moito
traballo poñémola de pé. Eu estaba arrimando un anaco dunha tella
para calzala, cando ¡pumba!, cae para atrás toda ela. Eu
dixen: “¡Coidado aí embaixo!” Pero non
axiña abondo porque Jean Coll non tivo tempo de saca-la perna... —¿E resultou
ferido? —¡Partiulle coma
unha estaca a pobre da perna! ¡Coitado! cando o vin, púxenme furioso. Quixen
desface-lo ídolo a golpes co pico, pero o señor de Peyrehorade detívome. Deulle
cartos a Jean Coll, que aínda lle está na cama e iso que xa hai quince días que
lle ocorreu isto, e o médico di que nunca ha andar con aquela perna igual que
coa outra. É mágoa, porque era o noso
mellor corredor e, despois do fillo do señor, o xogador de pelota máis listo.
Por iso o señor Alphonse de Peyrehorade se puxo tan triste, porque era con Coll
con quen botaba os partidos. Era bonito
ver como se mandaban as pelotas. ¡Paf! ¡Paf!
Nunca tocaban o chan. Conversando desta
sorte entramos en Ille, e axiña me encontrei ante a presencia do señor de
Peyrehorade. Era un velliño garboso aínda e disposto, empoado, co nariz
vermello, de aspecto xovial e burlón. Antes de abri-la carta do señor de P. xa
me instalara ante unha mesa ben servida e presentárame á súa muller e ó seu
fillo como arqueólogo ilustre que ía sacar ó Rosellón do esquecemento en que o
deixara a indiferencia dos sabios. Mentres comía
con bo apetito, porque non hai nada que dispoña mellor có aire vivo das
montañas, examinaba os meus anfitrións. Xa dixen algo sobre o señor de
Peyrehorade; teño que engadir que era a
vivacidade mesma. Falaba, comía, erguíase, corría á súa biblioteca, traíame
libros, mostrábame imaxes, servíame de beber; non paraba máis de dous minutos.
A súa dona, un pouquiño demasiado gorda, coma a maioría das catalanas cando
pasan dos corenta, pareceume unha auténtica provinciana, ocupada unicamente dos
coidados do fogar. Aínda que a cea fose suficiente para seis persoas polo
menos, correu á cociña, mandou matar uns pombos, fritir uns pasteis de millo,
abriu non sei cantos tarros de marmelada. Nun instante a mesa quedou ateigada
de bandexas e de botellas, e certamente morrería de indixestión só con probar
todo o que me ofrecían. Sen embargo, a cada prato que eu rexeitaba, producíanse
novas escusas. Temían que non me atopase ben en Ille. ¡En provincias hai tan
poucos recursos e os parisienses son tan difíciles! Entre as idas e
vindas de seus pais, o señor Alphonse de Peyrehorade non se movía máis ca un
chanto. Era un mozote de vinteseis anos, de fermosa e regular fisionomía, pero
falta de expresión. A súa talla e formas atléticas xustificaban sobradamente
a reputación de infatigable xogador de
pelota da que gozaba na rexión. Aquela noite ía vestido con elegancia,
exactamente coma o gravado do último número do Xornal da moda. Pero parecía
incómodo dentro da roupa, estaba teso coma un pao no seu colo de veludo, e
xiraba todo dunha peza. As súas mans grosas e curtidas, as unllas curtas,
contrastaban singularmente co traxe. Eran unhas mans de labrador saíndo das
mangas dun dandi. Por outra banda, aínda que me observase da cabeza ós pés con
moita curiosidade pola miña condición de parisiense, non me dirixiu a palabra
máis ca unha soa vez en toda a noite, foi para me preguntar onde comprara a
cadea do reloxo. —¡Ben, ben!
querido hóspede –díxome o señor de Peyrehorade contra a fin da cea–, perténceme vostede, está na miña casa. Xa
non o solto ata que teña visto todo o que temos de curioso nestas montañas. Ten
que aprender a coñece-lo noso Rosellón, e a facerlle xustiza. Nin sospeita todo
o que lle imos amosar. Monumentos fenicios, celtas, romanos, árabes,
bizantinos, verá todo, dende o cedro ata o hisopo. Heino levar a todas partes e
non lle hei perdoar nin un ladrillo. Un acceso de
tose obrigouno a calar. Aproveitei para dicirlle que sentiría moito molestar
nunha circunstancia tan importante para a súa familia. Se tiña a amabilidade de
darme os seus excelentes consellos para as excursións que debía facer, podería
eu, sen que el pasase o traballo de me acompañar... —¡Ah!, fala
vostede do casamento deste rapaz –exclamou el, interrompéndome–. ¡Parvadas!,
iso será pasado mañá. Vostede celebrará a voda connosco, en familia, porque a
futura está de loito por unha tía que lle deixou a herdanza. Así que nada de
festa, nada de baile... É mágoa...Vería vostede danza-las nosas catalanas...
Son bonitas, e se cadra entrábanlle ganas de imitar ó meu Alphonse. Unha voda,
segundo se di, trae outras... O sábado, casados os rapaces, quedo libre, e
poñémonos de camiño. Pídolle perdón polo tedio dunha voda de provincias. Para
un parisiense enfastiado de festas... ¡E por riba unha voda sen baile! Sen
embargo, verá vostede unha noiva... unha noiva... xa me contará... Pero é
vostede un home serio e xa non mira ás mulleres. Teño algo mellor que
amosarlle. ¡Heille de ensinar unha cousa!... Resérvolle unha boa sorpresa para
mañá. —¡Meu Deus!
–díxenlle eu–, é difícil ter un tesouro na casa sen que o saiba todo o mundo.
Creo adiviña-la sorpresa que me prepara. Pero se é que se trata da súa estatua,
a descrición que me fixo o guía só serviu para excita-la miña curiosidade e
dispoñerme á admiración. —¡Ah!, ¡ah!
¡Faloulle do ídolo, porque é así como eles lle chaman á miña fermosa Venus
Tur... pero non quero dicirlle nada. Mañá, á luz do día, ha vela vostede, e xa
me dirá se teño razón en crer que é unha obra de arte. ¡Abofé!, ¡non podía
vostede chegar máis oportunamente! Hai
unhas inscricións que eu, pobre ignorante, explico á miña maneira... ¡Pero un
sabio de París...! Quizais se burle vostede da miña interpretación... pois
escribín unha memoria... eu que lle falo... vello anticuario de provincias,
lanceime... Quero facer que sufra a prensa... Se fixese o favor de lela e de
corrixila, podería esperar... Por exemplo, teño curiosidade por saber cómo
traduciría vostede esta inscrición do zócalo CAVE... ¡Pero aínda non quero
preguntarlle nada! ¡Ata mañá, ata mañá!
¡Nin unha palabra máis sobre a Venus, hoxe! —Fas ben,
Peyrehorade –dixo a súa muller–, en deixar aló o teu ídolo. ¿Non te decatas de
que non deixas comer ó señor? Anda, o señor ten visto en París estatuas ben
máis bonitas cá túa. Nas Tullerías (4) hai ducias delas, e de bronce tamén. —¡Velaquí a
ignorancia, a santa ignorancia de provincias! –interrompeu o señor de
Peyrehorade–. ¡Comparar unha antigüidade admirable coas vulgares figuras de
Coustou! ¡Con que irreverencia fala dos
deuses a miña muller!(5) ¿Sabe
vostede que a miña muller quería que fundise a
estatua para facer unha campá para a nosa igrexa? Así ela sería a
madriña. ¡Unha obra de arte de Mirón, señor! —¡Obra de arte,
obra de arte! ¡Vaia obra de arte a que fixo ela! ¡Parti-la perna dun home! —Muller,
¿ves? –dixo o señor de Peyrehorade, con
ton resolto e estendendo cara a ela a perna dereita con media de seda debuxada
–se a miña Venus rompese esta perna, non o sentiría nada. —¡Xesús!,
Peyrehorade, ¡como podes dicir iso! Por sorte o home vai mellor... E aínda non
podo soportar nin mirar unha estatua que provoca desgracias así. ¡Pobre Jean
Coll! —Ferido por
Venus, señor –dixo Peyrehorade, cunha gargallada–, ferido por Venus; o parvo
aínda se queixa. Veneris nec praemia
noris. (6) ¿Quen non foi ferido por Venus? O señor
Alphonse, que entendía o francés mellor có latín, chiscou un ollo con aire
intelixente, e miroume como preguntando: “¿E vostede, parisiense, comprende?” Terminou a cea.
Xa había unha hora que eu non comía nada. Estaba canso e non daba disimulado os
frecuentes bocexos que me escapaban. A señora de Peyrehorade foi a primeira en
darse conta e fixo ver que xa era hora de ir durmir. Entón comezaron de novo as
desculpas sobre o mal aloxamento que ía ter. Non ía estar como en París. ¡En
provincias estase tan mal! Tiña que ser indulxente cos roselloneses. Por máis
que protestei que despois dunha andada polas montañas un feixe de palla sería
unha cama deliciosa, seguíronme pedindo que perdoase a uns pobres aldeáns se
non me trataban tan ben como desexarían. Subín, por fin, ó cuarto que me estaba
destinado, acompañado polo señor de Peyrehorade. A escaleira cos chanzos
superiores de madeira, desembocaba no medio dun corredor ó que daban varios
cuartos. —Á dereita
–díxome o meu anfitrión– están os cuartos que lle destino á futura señora de Alphonse. O seu cuarto está ó final do
corredor oposto. Xa comprenderá vostede –engadiu, cun ton que pretendía ser
fino–, xa comprenderá que cómpre illar ós acabados de casar. Vostede está nun
extremo da casa, eles no outro. Entramos nun
cuarto ben amoblado onde o primeiro obxecto no que me foron da-los ollos foi un
leito de sete pés de longo, seis de ancho e tan alto que cumpría unha banqueta
para se empoleirar nel. O meu anfitrión, tras indicarme a posición da timbre e
da campaíña e de asegurarse por si mesmo de que o azucreiro estaba cheo e os
frascos de auga de colonia debidamente colocados sobre o lavabo, e despois de
me preguntar varias veces se non me faltaba de nada, deume as boas noites e
deixoume só. As ventás
estaban pechadas. Antes de me espir abrín unha para respira-lo aire fresco da noite,
delicioso despois dunha longa cea. En fronte aparecía o Canigou, cun aspecto
admirable sempre, pero que me pareceu aquela noite a máis fermosa montaña do
mundo, iluminado, como estaba, por unha lúa resplandecente. Permanecín uns
minutos contemplando a súa marabillosa silueta, e xa ía pecha-la ventá, cando,
baixando os ollos, albisquei a estatua sobre un pedestal a unhas vinte toesas
(7) da casa. Estaba situada na esquina dunha sebe viva que separaba un pequeno
xardín dun vasto terreo cadrado perfectamente liso que, como souben máis tarde,
era o de xogo de pelota da vila. Aquel terreo, propiedade do señor de
Peyrehorade, fora cedido por el á comunidade ante as prementes demandas do seu
fillo. Á distancia á
que estaba érame difícil distingui-la actitude da estatua; non podía xulgar máis que sobre a súa
altura, que me pareceu de seis pés aproximadamente. Nese momento, dous trasnos
da vila pasaban polo terreo de xogo, bastante preto da sebe, asubiando a bonita
canción do Rosellón: “Montagnes régalades”. Pararon para mira-la estatua; un deles
incluso a apostrofou en voz alta. Falaba catalán; pero eu levaba tempo bastante
no Rosellón como para poder comprender máis ou menos o que dicía. —¡Ai logo estás
aí, pillabana! –o termo catalán era máis enérxico–. ¡ Estás aí! –dicía–. ¡Así
que es ti a que lle partiu a perna a Jean Coll! Se foses miña partíache o
pescozo. —¡Boh ! ¿e con
que? –dixo o outro–. É de cobre, e tan dura que Étienne rompeu a lima nela
intentando limala. É cobre do tempo dos pagáns; é máis duro que non sei. —Se tivese aquí
o cortafrío –semella que era un
aprendiz cerralleiro–, habíalle facer saltar eses grandes ollos brancos coma
quen saca unha améndoa da casca. Hai prata por máis de cen moedas. Deron uns pasos
afastándose. —Téñolle que
da-las boas noites ó ídolo –dixo o máis grande dos aprendices, parando de
repente. Baixouse, e
probablemente colleu unha pedra. Eu vinlle estalica-lo brazo, lanzar algo, e
inmediatamente un golpe sonoro retumbou no bronce. No mesmo instante, o
aprendiz levou a man á cabeza dando un grito de dor. —¡Devolveuma!
–berrou. E os meus dous
trasnos fuxiron a todo correr. Era evidente que a pedra rebotara no metal e
castigara ó tunante pola aldraxe que lle fixera á deusa. Pechei a ventá,
rindo de boa gana. ¡Outro vándalo máis castigado por Venus! ¡Oxalá tódolos que
destrúen os nosos vellos monumentos apañasen así unha pedra na testa! Con este caritativo
desexo, quedei durmido. Xa era completamente
de día cando acordei. Xunto ó meu leito estaban, a un lado o señor de
Peyrehorade, en bata, ó outro, un criado que mandara a súa muller, cunha cunca
de chocolate na man. —¡Veña, en pé,
parisiense! ¡Ai estes lacazáns da capital! –dicía o meu anfitrión mentres eu me
vestía a escape–. ¡As oito e aínda na cama! Eu estou levantado dende as seis.
Xa é a terceira vez que subo, achegueime á súa porta nas puntas dos pés: nada,
non había sinais de vida. Halle facer mal durmir tanto á súa idade. ¡E a miña
Venus, aínda non a viu! Veña, tómeme axiña esta cunca de chocolate de
Barcelona... De auténtico contrabando... Un chocolate do que non hai en París.
Colla forzas, porque cando estea diante da miña Venus, non haberá quen o saque
de alí. En cinco minutos
estiven listo, é dicir, medio afeitado, mal abotoado, e queimado co chocolate
que traguei fervendo. Baixei ó xardín e
atopeime diante dunha admirable estatua. Era, en efecto,
unha Venus, e dunha marabillosa beleza. Tiña a parte de arriba do corpo núa, tal
como os antigos representaban xeralmente as grandes divindades; a man dereita,
levantada á altura do seo, estaba virada, a palma cara a dentro, o polgar e os
dous primeiros dedos estendidos, os outros dous lixeiramente dobrados. A outra
man, preto da cadeira, sostiña o pano que cubría a parte inferior do corpo. A
actitude desta estatua recordaba á do xogador de morra (8), que se designa, non sei por qué, co nome de Germanicus.
Quizais quixeran representar á deusa xogando ó xogo da morra. Sexa como for, é
imposible ver algo máis perfecto có corpo daquela Venus; nada máis suave e máis
voluptuoso có seu contorno; nada máis elegante e máis nobre có seu pano. Eu
esperaba algunha obra do Baixo Imperio; vía unha obra mestra da mellor época da
estatuaria. O que me sorprendía, sobre todo, era a exquisita veracidade das
formas, de sorte que parecían moldeadas sobre a natureza, se a natureza
producise tan perfectos modelos. A cabeleira,
alzada sobre a fronte, parecía ter sido dourada outrora. A cabeza, pequena coma
a de case tódalas estatuas gregas, estaba lixeiramente inclinada cara a
adiante. En canto á cara, nunca lograrei expresa-lo seu estraño carácter, o
tipo da cal non se aproximaba ó de ningunha outra estatua antiga que eu
recordase. Non era esa beleza tranquila e severa dos escultores gregos que, por
sistema, daban a tódolos trazos unha maxestosa inmobilidade. Aquí, polo
contrario, observaba con sorpresa a marcada intención do artista de expresa-la
malicia chegando ata a maldade. Tódolos trazos estaban lixeiramente contraídos:
os ollos un pouco oblicuos, as comisuras dos labios levantadas, os orificios do
nariz un algo inchados. Desdén, ironía, crueldade, líanse sobre aquel rostro,
con todo, dunha incrible fermosura. En verdade, canto máis se contemplaba aquela admirable estatua, máis se
experimentaba un penoso sentimento por que unha beleza tan marabillosa se
puidese asociar coa ausencia de toda sensibilidade. —Se o modelo
existiu algunha vez –díxenlle ó señor
de Peyrehorade–, e dubido de que o ceo teña producido xamais semellante muller,
compadezo ós seus amantes. Debeuse compracer en facelos morrer de
desesperación. Hai algo feroz na súa expresión, e sen embargo nunca vin nada
tan fermoso. —¡É Venus enteira
aferrada á súa presa! (9) –exclamou o
señor de Peyrehorade, satisfeito do meu entusiasmo. Aquela expresión
de ironía infernal víase aumentada, quizais, polo contraste entre os ollos
incrustados, de prata e moi brillantes, e a pátina verde escuro que lle dera o tempo a toda a estatua. Aqueles ollos
brillantes producían unha certa ilusión de realidade, de vida. Recordei o que
me dixera o guía, que lles facía baixa-los ollos ós que a miraban. Era case
certo, e non puiden evitar un movemento de cólera contra min mesmo ó sentirme
un pouco incómodo ante aquela figura de bronce. —Agora que xa
admirou cada detalle, benquerido colega en antigallaría –dixo o meu anfitrión–,
abramos, se lle parece, unha conferencia científica. ¿Que di vostede desa
inscrición na que aínda non reparou? Amosábame o zócalo da estatua, e alí lin
estas palabras: CAVE AMANTEM. —Quid dicis
doctissime? –preguntou, refregando as mans–. A ver se coincidimos sobre o
sentido deste cave amantem. —Pois –respondín
eu–, hai dous significados. Pódese traducir: "Ten coidado con quen te ama,
desconfía dos amantes ". Pero neste sentido non sei se ese cave amantem
sería bo latín. Vendo a expresión diabólica da dama eu inclínome a pensar máis
ben que o artista quixo poñer en garda ó espectador contra esta terrible
beleza. Así que eu traduciría: "Ten coidado se ela te ama”. —¡Hum! –dixo o
señor de Peyrehorade–, si, é unha versión admirable; pero, que non lle pareza
mal, eu prefiro a primeira traducción, que explicarei, sen embargo. ¿Vostede
coñece ó amante de Venus? —Hai varios. —Si, pero o
primeiro é Vulcano. ¿Non se quixo dicir: "A pesar da túa beleza, do teu
aire desdeñoso, terás un ferreiro, un coxo feo por amante"? ¡Lección
profunda, señor, para as coquetas!
A explicación
pareceume tan improbable que non puiden evitar sorrir. —O latín é unha
lingua terrible, coa súa concisión –observei, para evitar contradicir
formalmente ó meu anticuario, e retrocedín algúns pasos para contemplar mellor
a estatua. —¡Un instante,
colega! –dixo o señor de Peyrehorade, colléndome polo brazo–, aínda non viu
vostede todo. Hai outra inscrición máis. Suba ó zócalo e mire no brazo dereito
–dicindo isto, axudoume a subir. Agarreime sen
moitos miramentos ó colo da Venus coa que xa empezaba a familiarizarme. Mesmo a
mirei un instante por diante dos fociños, e atopeina, de cerca, aínda máis
malvada e aínda máis fermosa. Despois recoñecín que había, gravados no brazo,
algúns carácteres de antiga escritura cursiva, segundo me pareceu. Con moita
axuda de anteollos deletreei o seguinte, mentres o señor de Peyrehorade repetía
cada palabra a medida que eu a pronunciaba, aprobando co xesto e coa voz. Leo,
logo: VENERI TVRBVL... EVTYCHES MYRO IMPERIO FECIT Despois da
palabra TVRBVL da primeira liña pareceume que había algunhas letras borradas;
pero TVRBVL era perfectamente lexible. —¿O cal quere
dicir...? –preguntoume o meu anfitrión, radiante e sorrindo con malicia,
pois pensaba que eu non resolvería
facilmente ese TVRBVL. —Hai unha
palabra que aínda non me explico ben –dixen eu–; todo o resto é doado. Eutiches
Mirón fixo esta ofrenda a Venus por orde súa. —De marabilla.
Pero TVRBVL, ¿que fai vostede con iso ? ¿Que é ese TVRBVL? —TVRBVL ponme nun
apuro. Busco en van algún epíteto coñecido de Venus que me poida axudar. A ver,
¿que diría vostede de TVRBVLENTA? Venus que turba, que axita... Darase conta de
que sigo preocupado pola súa expresión malévola. TVRBVLENTA non é un epíteto
demasiado malo para Venus –engadín cun ton modesto, pois eu mesmo non estaba
moi satisfeito da miña explicación.
—¡Venus
turbulenta! ¡Venus a alborotadora! ¡Ah ! ¿E logo pensa que a miña Venus é unha
Venus de cabaré? Nada diso, señor; é unha Venus de boa condición. Voulle
explicar eu ese TVRBVL... Pero prométame non divulga-lo meu descubrimento antes
da impresión da memoria. É que, repare, estou moi orgulloso deste achado...
Cómpre que nos deixen algo da colleita para a rebusca a nosoutros pobres diaños
de provincianos. ¡Vostedes xa teñen tanto, señores sabios de París! Desde o alto do
pedestal, onde eu seguía empoleirado, prometinlle solemnemente que xamais
cometería a indignidade de lle rouba-lo seu descubrimento. —TVRBVL...,
señor –dixo, achegándose e baixando a voz por medo a que algún outro que non
fose eu puidese oílo–, lea TVRBVLNERAE. —Sigo sen
comprender. —Escoite ben. A
unha legua de aquí, ó pé da montaña, hai un pobo que se chama Boultenère. É
unha corrupción da palabra latina TVRBVLNERA. Estas inversións son moi comúns.
Boultenère, señor, foi unha vila romana. Eu sempre o sospeitara, pero nunca
atopara a proba. A proba, velaí a está. Esta Venus era a divindade tópica da
cidade de Boultenère; e esta palabra de Boultenère, que eu acabo de demostrar
que é de orixe antiga, proba unha cousa ben máis curiosa, e é que Boultenère
antes de ser vila romana ¡foi vila fenicia! Parou un momento
para respirar e gozar da miña sorpresa. Eu conseguín reprimir un forte desexo
de rir. —En efecto
–proseguiu–, TVRBVLNERA é fenicio puro,
TVR pronuncie TUR... TUR e SUR, mesma palabra ¿non é ? SUR é o nome fenicio de
Tyr; non necesito recordarlle o significado. BVL é Baal; Bâl, Bel, Bul,
lixeiras diferencias de pronunciación. En canto a NERA, créame algunhas
dificultades. Estou tentado de crer, a falta de atopar unha palabra fenicia,
que vén do grego nerós, húmido, pantanoso. Sería, polo tanto, unha
palabra híbrida. Para xustificar nerós heille de ensinar como, en Boultenère,
os regatos da montaña forman charcas infectas. Por outro lado, a terminación
NERA puido ser engadida moito máis tarde en honor de Nera Pivesuvia, muller de
Tetricus, a que lle tería feito algún beneficio á cidade de Turbul. Pero, por
causa das charcas, eu prefiro a etimoloxía de /nerós/. Colleu unha
chisco de rapé, moi satisfeito. —Mais deixemos
ós fenicios e volvamos á inscrición. Traduzo, logo: "A Venus de Boultenère
Mirón dedica pola súa orde esta estatua, obra súa". Gardeime ben de
critica-la súa etimoloxía, pero quixen, eu tamén, dar probas de penetración, e
díxenlle: —Alto aí, señor.
Mirón consagrou algo, pero eu non vexo en absoluto que sexa esta estatua. —¿Como?
–exclamou–. ¿Non era Mirón un famoso escultor grego? O talento perpetuaríase na
súa familia: e sería un dos seus descendentes o que faría esta estatua. Iso é
seguro. —Pero –repliquei–, eu vexo no brazo un buraquiño. Penso que
serviu para fixar algo, unha pulseira, por exemplo, que ese Mirón lle deu a
Venus en ofrenda expiatoria. Mirón era un amante desgraciado. Venus estaba
irritada con el: el calmouna ofrecéndolle unha pulseira de ouro. Fíxese que
fecit se emprega a miúdo como consecravit. Son termos sinónimos. Amosaríalle
máis dun exemplo se tivese a man a Gruter ou a Orelli. É natural que un
namorado vexa a Venus en soños, que imaxine que ela lle manda ofrecer unha
pulseira de ouro á súa estatua. Mirón ofréndalle a pulseira... Despois os
bárbaros, ou ben algún ladrón sacrílego... —¡Ah! ¡Ben se ve
que vostede escribe novelas! –berrou o meu anfitrión dándome a man para
baixar–. Non, señor, é unha obra da escola de Mirón. Repare ben no traballo e
estará vostede de acordo comigo. Como eu xurara
endexamais contradicir sen reparos ós anticuarios testudos, baixei a cabeza con
aire convencido e dixen: —É unha peza
admirable. —¡Ai, meu Deus!
–exclamou o señor de Peyrehorade–. ¡Outro acto vandálico! Xa lle tiraron unha
pedra á miña estatua! Acababa de ver
unha marca moi branca un pouco máis arriba do seo da Venus. Eu notei unha marca
semellante nos dedos da man dereita, que, supuxen daquela, foran tocados, no
seu traxecto, pola pedra, ou ben desprendérase un fragmento co choque e
rebotara na man. Conteille ó meu anfitrión o insulto do que eu fora testemuña e
o rápido castigo que seguira. El riu moito e, comparando ó aprendiz con
Diomedes, desexoulle que vira, coma o heroe grego, a tódolos seus compañeiros
convertidos en paxaros brancos. A campá do
xantar interrompeu esta conversa clásica e, igual cá véspera, obrigáronme a
comer por catro. Despois viñeron os caseiros do señor de Peyrehorade; e,
mentres que el lles daba audiencia, o seu fillo levoume a ver unha carruaxe que
mercara en Toulouse para a súa prometida e que eu admirei, por suposto. Despois
entrei con el na corte, onde me tivo media hora a eloxia-los cabalos, a
explicarme a súa xenealoxía, a contarme os premios que gañaran nas carreiras do
departamento. Por fin faloume da súa futura esposa por causa dunha egua gris
que lle destinaba. —Ímola ver hoxe
–dixo–. Non sei se lle parecerá bonita. Vostedes son complicados, en París;
pero, aquí e en Perpiñán, todo o mundo a encontra encantadora. O mellor é
que é moi rica. A súa tía de Prades
deixoulle os seus bens. ¡Oh ! vou ser moi feliz. Quedei
fondamente sorprendido de ver a un mozo que parecía máis impresionado polo dote
que polos fermosos ollos da súa futura muller. —Vostede entende
de xoias –proseguiu o señor Alphonse–, ¿que lle parece isto? É o anel que lle
vou regalar mañá. Dicindo isto,
sacou da primeira falanxe do dedo maimiño unha grosa sortella de diamantes,
formada por dúas mans entrelazadas; alusión que me pareceu infinitamente
poética. O traballo era antigo pero xulguei que fora retocada para engarza-los
diamantes. No interior da sortella líanse estas palabras en letras góticas:
Sempr' ab ti; é dicir, sempre contigo. —É unha bonita
sortella –dixen–; pero estes diamantes que lle engadiron fanlle perder un pouco
do seu carácter. —¡Oh!, está
moito máis bonita así –respondeu el, sorrindo–. Hai aí mil douscentos francos
en diamantes. Foi miña nai a que ma regalou. Era unha sortella de familia, moi
antiga... do tempo da cabalería. Fora da miña avoa, que xa a herdara da súa.
Sabe Deus cando foi feita. —O costume en
París –díxenlle eu– é regalar un anel moi sinxelo, normalmente composto por
dous metais diferentes, como ouro e platino. Mire, esoutra sortella, que leva
vostede nese dedo, sería moi apropiada. Esta, cos diamantes e coas mans en
relevo, é tan grosa que non se podería poñer unha luva por riba. —¡Bah!, a miña muller terase que amañar como poida. Eu
creo que ha estar ben contenta de a ter mil douscentos francos no dedo, é
agradable. Esta sortelliña –engadiu, mirando con satisfacción para o anel liso
que levaba na man–, esta foi unha muller quen ma regalou, en París, un martes
de entroido. ¡Ah!, ¡ como o pasei cando estiven en París, hai dous anos! ¡Alí
si que se divirte un!... –e suspirou
con nostalxia. Aquel día
tiñamos que cear en Puygarrig, na casa dos parentes da futura noiva; montamos
na carruaxe e dirixímonos ó pazo, situado aproximadamente a unha legua e media
de Ille. Fun presentado e acollido como amigo da familia. Non falarei da cea
nin da conversación que seguiu, na que case non tomei parte. O señor Alphonse, situado a carón da súa
futura esposa, dicíalle algo ó oído
cada cuarto de hora. En canto a ela, mal levantaba os ollos e, cada vez que o
seu pretendente lle falaba, ruborizábase
modestamente, pero respondíalle sen embarazo. A señorita de
Puygarrig tiña dezaoito anos; a súa cintura flexible e delicada contrastaba
coas formas óseas do robusto noivo. Non só era fermosa senón tamén seductora.
Eu admiraba a perfecta naturalidade de tódalas súas respostas; e o seu aspecto bondadoso, que sen embargo
non estaba exento dun lixeiro toque de malicia, recordoume, contra o meu gusto,
á Venus do meu anfitrión. Nesta comparanza, que fixen para min, preguntábame se
a superioridade en fermosura, que lle había que conceder á estatua, non
consistía, en gran parte, na súa expresión de tigresa; porque a enerxía, mesmo
nas malas paixóns, excita sempre en nós un asombro e unha especie de admiración
involuntaria. “¡É mágoa”,
pensei, saíndo de Puygarrig, “que unha persoa tan amable sexa rica, e que o seu
dote faga que a pretenda un home
indigno dela!” Ó regreso a
Ille, como non sabía qué lle dicir á señora de Peyrehorade, á que me sentía obrigado
a dirixi-la palabra de vez en cando, exclamei: —¡Son vostedes
ben valentes, no Rosellón! ¿Como é que casan en venres, señora? En París somos
máis supersticiosos; ninguén ousaría tomar muller en tal día. —¡Ai Deus!, non
me fale –dixo ela–, se dependera de min, certamente habiamos escoller outro
día. Pero Peyrehorade quíxoo así, e houbo que ceder. Sen embargo, estou algo
desacougada. ¿E se ocorrese unha desgracia? Algunha razón ten que haber, pois
en fin ¿por que todo o mundo ten medo dos venres? —¡Venres!
–berrou o seu home–. ¡É o día de Venus! ¡Bo día para un casamento! Ben o ve
vostede, querido colega, non penso máis que na miña Venus. ¡Palabra!, por causa
dela escollín un venres. Mañá, se quere, antes da voda, facémoslle un pequeno
sacrificio; sacrificamos dúas pombas, e se eu soubese onde atopar incenso... —¡Quita de aí,
Peyrehorade! –interrompeu a súa muller, escandalizada ó máximo–. ¡Incensar a un
ídolo! ¡Que abominación! ¿Que dirían de nós por aí adiante? —Polo menos –dixo
o señor de Peyrehorade–, permitirás que lle poña sobre a testa unha coroa de
rosas e lirios: Manibus date lilia plenis (10). Xa
o ve, señor, a constitución é unha va palabra. ¡Non temos liberdade de culto! Os actos do día
seguinte foron organizados da maneira que segue: todo o mundo debía estar listo
e vestido para a ocasión ás dez en punto. Unha vez tomado o chocolate, iriamos
en coche a Puygarrig. A voda civil había que facela no concello da vila, e a
cerimonia relixiosa na capela do pazo. Viría logo un xantar. Despois do xantar
pasariámo-lo tempo como puidesemos ata as sete horas. Ás sete regresariamos
para Ille, á casa do señor de
Peyrehorade, onde debían cear as dúas familias reunidas. O resto dedúcese
naturalmente. Non habendo baile, quixeran come-lo máis posible. Desde as oito eu
estaba sentado diante da Venus, cun lapis na man, comezando por vixésima vez a
cabeza da estatua, sen conseguir capta-la súa expresión. O señor de Peyrehorade
ía e viña arredor de min, dábame consellos, repetíame as súas etimoloxías
fenicias; despois dispoñía rosas de Bengala no pedestal da estatua e, cun ton
traxicómico presentáballe os votos pola parella que ía vivir baixo o seu teito.
Contra as nove volveu á casa para se arranxar e, ó mesmo tempo, apareceu o
señor Alphonse, cun traxe novo ben axustado, luvas brancas, zapatos de charón,
botóns cicelados, unha rosa na botoeira. —¿Faralle un
retrato á miña muller? –dixo, inclinándose sobre o meu debuxo. Ela tamén é
bonita. Nese momento comezaba no terreo de xogo do
que xa falei un partido que, inmediatamente, atraeu a atención do señor
Alphonse. E eu, canso e desesperando de reproducir aquela diabólica cara,
deixei en seguida o debuxo para mirar ós xogadores. Había entre eles algúns
arrieiros españois chegados a véspera.. Eran aragoneses e navarros, case todos
dunha marabillosa destreza. Así os de Ille, aínda que animados pola presencia e
os consellos do señor Alphonse, foron
de seguida vencidos por aqueles novos campións. Os espectadores nacionais
estaban consternados. O señor Alphonse mirou o reloxo. Aínda non eran máis cás
nove e media. A súa nai non estaba peiteada. Non o dubidou máis: quitou o
traxe, pediu unha chaqueta e desafiou ós españois. Eu observábao sorrindo e un
pouco sorprendido. —Hai que
defende-lo honor do país –dixo. Entón pareceume
verdadeiramente fermoso. Era apaixonado. O seu arranxo, que tanto o preocupaba había un momento, xa non
significaba nada para el. Uns minutos antes non se atrevía nin a vira-la cabeza
por medo a descompoñe-la gravata. Agora xa non pensaba no cabelo rizado nin nos
adornos de encaixe tan ben plisados. ¿E a súa prometida?... Abofé, se fose
necesario eu creo que el aprazaría o casamento. Vinlle calzar a toda presa un
par de sandalias, remangarse e, con paso firme, poñerse á cabeza do equipo
vencido, coma César reunindo os seus soldados en Dirrachium. Saltei a sebe e
instaleime comodamente á sombra dun lodoeiro, de modo que puidese ver ben os
dous campos. Contra a expectativa
xeral, o señor Alphonse fallou a primeira pelota; ben é verdade que viña a ras
de terra e lanzada con sorprendente
forza por un aragonés que parecía se-lo xefe dos españois. Era este un home
duns corenta anos, seco e nervioso, de seis pés de alto, e a súa pel olivácea
tiña unha tonalidade case tan escura coma o bronce da Venus. O señor Alphonse
lanzou a raqueta ó chan con furia. —¡É este maldito
anel –exclamou–, que me aperta o dedo e faime perder unha pelota segura! Quitou, non sen
traballo, o anel de diamantes:
aproximeime a el para collerllo; pero disuadiume, correu onda a Venus,
púxolle o anel no dedo anular, e tornou ó seu posto á cabeza dos de Ille. Estaba pálido,
pero tranquilo e resolto. Dende entón non fixo nin unha soa falta, e os
españois quedaron totalmente derrotados. O entusiasmo dos espectadores foi un
fermoso espectáculo: uns daban mil berros de ledicia tirando as gorras ó aire,
outros apertábanlle as mans, dicíndolle que era a honra do país. Se tivese rexeitado
unha invasión dubido de que recibise felicitacións máis vivas e máis sinceras.
O desgusto dos vencidos engadíalle emoción á victoria. —Habemos botar
outros partidos, valente –díxolle el ó aragonés cun ton de superioridade–; pero
dareille vantaxe. Gustaríame que o
señor Alphonse fose máis modesto, e case me deu pena a humillación do seu
rival. O xigante
español sentiu profundamente este insulto. Vin como palidecía baixo a pel
morena. Miraba con tristeza a raqueta, apertando os dentes; despois, coa voz
afogada dixo moi baixo: —Me lo pagarás. A voz do señor
de Peyrehorade veu perturba-lo triunfo do seu fillo; o meu anfitrión quedou moi
sorprendido de non o atopar presidindo os preparativos da nova carruaxe, e
aínda o foi máis cando o viu suando coa
raqueta na man. O señor Alphonse correu á casa, lavou a cara e as mans, volveu
poñe-lo traxe novo e os zapatos de charón, e cinco minutos máis tarde iamos ó
trote pola estrada de Puygarrig. Tódolos xogadores da vila e gran número de
espectadores seguíronnos con aturuxos
de ledicia. Os vigorosos cabalos que
nos levaban a penas daban mantido o seu avance entre aqueles intrépidos
cataláns. Xa estabamos en
Puygarrig e o cortexo íase poñer en marcha cara ó concello, cando o señor Alphonse,
dando un golpe na fronte, díxome baixiño: —¡Que
descoido! ¡Esquecín a sortella! Está no dedo da Venus. ¡Así a leve o diaño! Non llo diga a miña nai. Se cadra non se dá conta de nada. —Podería vostede
mandar a alguén aló –díxenlle eu. —¡Bah!, o meu
criado quedou en Ille. E destes non me fío nada. ¡Mil douscentos francos en
diamantes poden tentar a máis de un! Ademais, ¿que pensarían aquí da miña
distracción? Burlaríanse de min. Chamaríanme o marido da estatua... ¡Con tal de
que non ma rouben! Por sorte, o ídolo dálles medo ós meus galopíns. Non se
atreven a achegarse a ela a un brazo de distancia. ¡Boh! tanto ten; teño outro anel. As dúas
cerimonias, civil e relixiosa, celebráronse coa pompa conveniente; e a señorita
de Puygarrig recibiu o anel dunha modista de París, sen sospeitar que o seu
prometido facía o sacrificio de darlle unha prenda amorosa. Despois puxémonos á
mesa, bebemos, comemos, cantamos mesmo, todo durante moito tempo. Eu sufría
pola noiva a causa da alegría ordinaria que estoupaba ó redor dela; sen embargo
ela respondía moito mellor do que eu esperara e o seu embarazo non era nin
torpeza, nin afectación. Quizais o valor
aparece nas situacións difíciles. Terminada a
comida cando Deus o quixo, xa eran as catro; os homes foron pasear polo parque,
que era magnífico, ou contemplaron a danza, sobre o céspede do pazo, das
campesiñas de Puygarrig, ataviadas coas súas roupas de festa. Desta maneira
pasamos varias horas. Entrementres, as mulleres bulían todas arredor da noiva
admirando os regalos de voda, que ela lles amosaba. Despois cambiou de roupa e
reparei en que cubrira os seus fermosos cabelos cun gorro e un sombreiro de plumas, pois nada hai máis premente
para as mulleres que adoptar, en canto poden, o aderezo que o costume lles
prohibe cando aínda están solteiras. Eran preto das
oito cando nos dispuxemos a partir para Ille. Pero antes tivo lugar unha escena
patética. A tía da señorita de Puygarrig, que era coma súa nai, muller de moita
idade e moi devota, non ía connosco para a vila. Ó partir botoulle á sobriña un
conmovedor sermón sobre os seus deberes de esposa, sermón que produciu un
torrente de lágrimas e de abrazos e bicos sen fin. O señor de Peyrehorade
comparaba esta separación co rapto das Sabinas. Partimos, nembargantes, e,
durante o traxecto, todos nos esforzamos por distraer á noiva e por facela rir;
pero todo foi en van. En Ille
agardábanos a cea, ¡e que cea! Se a groseira alegría da mañá me chocara, moito
peor foi agora polos equívocos e as bromas de que foron obxecto o noivo e sobre
todo a noiva. O noivo, que desaparecera un instante antes de se sentar á mesa,
estaba pálido e dunha seriedade de xeo. Bebía continuamente un viño vello de
Collioure case tan forte coma a augardente. Eu estaba a carón del e sentinme
obrigado a advertirlle: —¡Teña coidado!
–din que o viño... Non sei que
trapallada lle dixen para estar a ton cos
convidados. Empuxoume co
xeonllo e díxome, moi baixo: —Cando nos
levantemos da mesa..., quero dicirlle dúas palabras. O seu ton
solemne sorprendeume. Mireino con máis atención e notei unha estraña alteración
nas súas faccións. —¿Encóntrase
vostede indisposto? –pregunteille. —Non. E volveuse pór a
beber. Mentres tanto, no
medio dos berros e dos aplausos, un neno de once anos, que se metera debaixo da
mesa, mostraba ós asistentes unha bonita fita branca e rosa que acababa de
quitar do tornecelo da noiva. Chámaselle a iso unha liga. Inmediatamente, foi
cortada en anacos e repartida entre os mozos, que adornaron con ela a botoeira,
seguindo un antigo uso que aínda se conserva nalgunhas familias patriarcais.
Con tal motivo, a noiva púxose colorada ata as orellas. Mais o seu apuro chegou
ó colmo cando o señor de Peyrehorade, reclamando silencio, lle cantou uns
versos cataláns, improvisados, dixo el. Este é o significado, se entendín ben: —¿Que pasa,
amigos meus? ¿O viño faime ver dobre? Hai dúas Venus aquí... O noivo virou
bruscamente a cabeza con tal cara de susto que fixo rir a todo o mundo. —Si –proseguiu o
señor de Peyrehorade–, hai dúas Venus na miña casa. Unha atopeina na terra coma
unha trufa; a outra, que descendeu do ceo, reparte con nós o seu cinto. Quería dicir a
súa liga. —Fillo, entre a
Venus romana e a catalana, escolle a que ti prefiras. O tunante colle a
catalana, a mellor. A romana é negra, a catalana é branca. A romana é fría, a
catalana inflama todo o que se lle acerca. Este final
levantou tales hurra, tan ruidosos aplausos e risadas tan sonoras, que pensei
que nos ía cae-lo teito encima da cabeza. Ó redor da mesa non había máis que
tres rostros serios, os dos noivos e o meu. A mín doíame moito a cabeza; e
ademais, non sei por qué, as vodas sempre me poñen triste. Aquela, ademais,
repugnábame un pouco. Despois de que o
tenente de alcalde cantase as últimas cancións, que eran atrevidas abondo,
téñoo que dicir, pasamos ó salón para deleitarnos coa partida da noiva, que ía
ser pronto conducida ó seu cuarto, pois xa case era a media noite. O señor
Alphonse levoume ó peitoril dunha ventá e díxome, desviando a mirada: —Vaise burlar
vostede de mín... Pero non sei o que me pasa... ¡Estou embruxado! ¡ Mal demo me
leve! O primeiro que
se me ocorreu foi que se cría ameazado por algunha desas desgracias das que
falan Montaigne e Madame de Sévigné: "Todo o imperio amoroso está cheo de
historias tráxicas ", etc. “Eu cría que esa
clase de accidentes só lles ocorrían ás persoas de enxeño”, pensei eu. —Bebeu demasiado
viño de Collioure, querido Alphonse, –dixen–. Eu xa llo advertira. —Si, quizais.
Pero isto é algo moito máis terrible. Tiña a voz
entrecortada. Eu pensei que estaba completamente bébedo. —¿Lémbrase do
meu anel? –proseguiu despois dun silencio. —¿E logo?,
¿roubáronllo? —Non. —Nese caso,
¿teno vostede? —Non... eu... eu
non o podo quitar do dedo dese diaño de Venus. —¡Bah! non
tiraría abondo. —Tirei... Mais a
Venus... apertou o dedo. Mirábame
fixamente, sombrío, apoiándose na falleba para non caer. —¡Que historia!
–dixen eu–. Meteulle o anel moi apertado. Mañá cunhas tenaces recupérao. Pero
teña coidado de non estraga-la estatua. —¿Non lle digo
que non? O dedo da Venus está dobrado, pregado; aperta a man, ¿comprende?... É coma se fose a miña muller, porque
eu lle entreguei o anel... Agora non o quere devolver. Tiven un
arreguizo súbito, e por un momento púxoseme a pel de galiña. Despois, botou un
gran suspiro que me lanzou unha bafarada de viño, e toda a emoción desapareceu. Este desgraciado
está completamente bébedo. —Vostede é
anticuario, señor –engadiu o noivo cun acento lamentable–; vostede coñece esas
estatuas... se cadra hai un resorte, algunha diabrura, que eu non coñezo... ¿E
se fose mirar? —Encantado
–dixen–. Veña comigo. —Non, prefiro
que vaia só. Saín do salón. O tempo cambiara
durante a cea, e comezaba a cae-la chuvia con forza. Ía pedir un paraugas,
cando me detivo unha reflexión. “¡Ben parvo había ser”, pensei, “se fose
comproba-lo que di un home bébedo! Ademais, se cadra o que quere é gastarme
unha broma pesada para facer rir a estes honrados provincianos; e o menos que
me pode pasar é mollarme ata os ósos e
pillar un bo catarro.” Desde a porta
boteille unha ollada á estatua que chorreaba auga, e subín ó meu cuarto sen
regresar ó salón. Deiteime; máis o sono tardou en chegar. Volvíanme pasar pola
cabeza tódalas escenas da xornada. Pensaba naquela moza tan bonita e tan pura
abandonada a un borracho brutal. “¡Non hai cousa máis odiosa”, pensaba eu, “que
unha voda de conveniencia ¡Un alcalde pon a escarapela tricolor, un cura a
estola!, ¡e velaí a rapaza máis honesta do mundo entregada ó Minotauro! Dous
seres que non se aman, ¿que se poden dicir en semellante momento, que dous
namorados pagarían o prezo da súa existencia? ¿Pode unha muller amar xamais a
un home ó que vexa comportarse groseiramente unha vez? As primeiras impresións
non se borran, e estou seguro, este señor Alphonse ha merecer ben ser
odiado...” Durante o meu
monólogo, que abrevio moito, oíra unha chea de idas e vidas pola casa, portas
que se abrían e pechaban, coches que partían; despois pareceume oír pola
escaleira lixeiros pasos de varias mulleres que se dirixían ó extremo do
corredor oposto ó meu cuarto. Era, probablemente, o cortexo da noiva que a
levaba para o leito. Axiña volveran baixa-la escaleira. A porta da señora de
Peyrehorade pechárase. “¡Que nerviosa e que incómoda debe estar esa pobre
rapaza!” pensei. Eu daba voltas no
leito de mal humor. Un rapaz solteiro xoga un mal papel nunha casa onde ten
lugar un casamento. Reinaba o
silencio dende había algún tempo, cando foi turbado por uns pesados pasos que
subían a escaleira. Os chanzos de madeira estalaron ruidosamente. —¡Que bruto!
–exclamei–. Apostaría a que vai caer polas escaleiras. Todo volveu
quedar tranquilo. Collín un libro para cambia-lo curso das miñas ideas. Era
unha estatística do departamento, ornada cunha memoria do señor de Peyrehorade
sobre os monumentos druídicos do distrito de Prades. Á terceira páxina
adormecín. Durmín mal e
acordei varias veces. Podían se-las cinco da mañá e xa levaba esperto máis de
vinte minutos cando cantou o galo. Ía raia-lo día. Entón oín claramente os
mesmos pasos pesados, o mesmo estalar da escaleira que oíra antes de adormecer.
Pareceume raro. Bocexando, intentei adiviñar por qué o señor Alphonse se erguía
tan cedo. Non imaxinaba nada verosímil.
Ía volver pecha-los ollos cando me atraeron a atención de novo unhas estrañas
carreiras ás que se uniu de contado un tintinar de campaíñas e o ruído de
portas que se abrían con estrépito, despois distinguín berros confusos. “¡O meu
borrachón debeu prender lume nalgún sitio!”, pensei, botándome fóra do leito. Vestinme
rapidamente e saín ó corredor. Do extremo oposto saían berros, e lamentos e
unha voz chea de aflicción dominaba ás outras todas: —¡Meu fillo, meu
fillo! Era evidente que
lle ocorrera algunha desgracia ó señor Alphonse. Corrín á cámara nupcial:
estaba chea de xente. O primeiro espectáculo que viron os meus ollos foi o mozo
medio vestido, atravesado no leito que tiña a madeira partida. Estaba lívido,
sen movemento. A súa nai choraba e berraba a carón del. O señor de Peyrehorade
axitábase, fregáballe as tempas con auga de Colonia ou poñíalle sales baixo o
nariz. Pero, ¡ai!, onde ía que o seu fillo estaba morto. Nun canapé, no outro
extremo do cuarto, estaba a noiva, presa de horribles convulsións. Emitía uns
sons inarticulados, e dúas robustas criadas case non a daban suxeitado. —¡ Meu Deus!
–exclamei eu–, ¿pero que foi o que pasou? Achegueime ó
leito e levantei o corpo do desgraciado mozo; xa estaba ríxido e frío. Os
dentes apertados e a cara denegrida expresaban as máis horribles angustias. Ben
se vía que a súa morte fora violenta e a agonía terrible. Ningunha traza de
sangue, sen embargo, na súa roupa. Aparteille a camisa e vin, sobre o peito,
unha pegada azourida que se prolongaba polas costas e o lombo. Parecía como se
fose apertado por un aro de ferro. O meu pé pousouse sobre algo duro que había
na alfombra; baixeime e vin a sortella de diamantes. Arrastrei ó
señor de Peyrehorade e á súa muller para o cuarto deles; despois mandei que
levasen para alí a noiva. —Aínda teñen unha filla
–díxenlles–, teñen que coidar dela.
Entón deixeinos sos. Non me cabía
dúbida de que o señor Alphonse fora víctima dun asasinato os autores do cal
atoparan a maneira de introducirse pola noite no cuarto da noiva. Sen embargo,
aquelas mazaduras no peito, a súa dirección circular, estrañábanme moito
pois non podían ter sido producidas por
un pao ou unha barra de ferro. De repente, acordoume ter oído dicir que en
Valencia algúns matóns usaban longos sacos de coiro cheos de area fina para
golpear á xente que lles pagaban por matar. Ó momento lembrei ó muleiro
aragonés e a súa ameaza; aínda así non me atrevía a pensar que se vingara dun
modo tan terrible por unha simple broma. Fun pola casa,
buscando por todas partes vestixios de efracción sen os atopar por ningures.
Baixei ó xardín para ver se os asasinos se puideran introducir por alí; mais
non encontrei ningún indicio seguro. Por outra banda, chovera tanto a véspera
que non podía haber ningunha pegada ben clara no chan. Con todo, observei algúns
pasos profundamente imprimidos na terra: ían en dúas direccións contrarias,
pero na mesma liña, partindo da esquina da sebe contigua ó campo de xogo e
chegaban á porta da casa. Podían se-los
pasos do señor Alphonse cando fora busca-lo seu anel no dedo da estatua.
Ademais, como a sebe, naquel sitio, era
menos espesa que por outras partes, debía ser por alí por onde a franquearan os
asasinos. Pasando e volvendo pasar por diante da estatua, parei un instante a
considerala. Esta vez, confésoo, non puiden contemplar sen espanto a súa
expresión de maldade irónica; e, coa cabeza chea daquelas escenas horribles das
que acababa de ser testemuña, pareceume ver unha divindade infernal aplaudindo
a desgracia que golpeaba aquela casa. Regresei ó meu
cuarto e permanecín alí ata o mediodía. Entón saín e pedín noticias dos meus
anfitrións. Estaban un pouco máis calmados. A señorita de Puygarrig, ou debería
dici-la viúva do señor Alphonse, recobrara o coñecemento. Mesmo falara algo co
fiscal do rei en Perpiñán, que andaba daquela de viaxe por Ille, e este
maxistrado recibira a súa declaración. Pediume a miña. Díxenlle o que sabía, e
non lle ocultei as miñas sospeitas sobre o muleiro aragonés. Ordenou que fose
detido inmediatamente. —¿Soubo vostede
algo pola señora de Alphonse? –pregunteille ó fiscal do rei, cando a miña
declaración estivo escrita e asinada. —Esa desgraciada
rapaza virou tola –díxome el, sorrindo tristemente–. ¡Tola!, completamente
tola. Isto é o que conta: Estaba deitada, di ela, dende había uns minutos, coas
cortinas pechadas, cando se abriu a porta do cuarto e entrou alguén. Nese
momento, a señora de Alphonse estaba na beira da cama, mirando cara á parede.
Non fixo nin un movemento, persuadida de que era o seu marido. Ó cabo dun
momento, o leito renxeu coma se o cargasen cun peso enorme. Tivo moito medo,
pero non ousou volve-la cabeza. Cinco minutos, dez minutos quizais... non se dá
conta do tempo, pasaron así. Despois fixo un movemento involuntario, ou ben o
fixo a persoa que estaba no leito, e sentiu o contacto de algo frío coma o xeo,
son as súas palabras. Entón encolleuse na beira tremendo toda ela. Pouco despois a porta abriuse por segunda vez
e entrou alguén que dixo: “Boas noites, miña mulleriña”. Inmediatamente despois
descorreron as cortinas. Oíu un berro afogado. A persoa que estaba na cama, ó
lado dela, sentouse e pareceu como se estendese os brazos cara a adiante. Ela
virou a cabeza, entón... e viu, di ela, ó seu marido de xeonllos onda a cama,
coa cabeza á altura da almofada, entre os brazos dunha especie de xigante
verdoso que o apertaba con forza. Di ela, e repetiumo vinte veces ¡pobre
muller!... di ela que recoñeceu... ¿adivíñao vostede? á Venus de bronce, a
estatua do señor de Peyrehorade... Dende que está no país todo o mundo soña con
ela. Pero volvo ó relato da desgraciada tola. Ante este espectáculo perdeu o
coñecemento e, probablemente, dende había uns instantes perdera a razón. Non
pode dicir en absoluto cánto tempo estivo desvanecida. Cando volveu en si viu de novo o fantasma, ou a estatua, como
ela di sempre, inmóbil, coas pernas e a parte de abaixo do corpo na cama, o
busto e os brazos estendidos cara a adiante e entre os brazos o seu marido, sen
movemento. Cantou o galo. Entón a estatua saíu do leito, deixou cae-lo cadáver
e saíu. A señora de Alphonse colgouse da campaíña e o resto xa o coñece
vostede. Trouxeron ó
español; estaba tranquilo e defendeuse con moito sangue frío e presencia de
ánimo. Polo demais, non negou os propósitos que eu oíra; pero explicábao pretendendo
que non quixera dicir outra cousa senón que ó día seguinte, cando estivese
descansado, habíalle gañar un partido ó seu vencedor. Acórdome de que engadiu: —Un aragonés,
cando o aldraxan, non agarda ó día seguinte para se vingar. Se eu pensase que o
señor Alphonse me quixera insultar, dáballe ó momento unha coitelada no ventre. Compararon os
seus zapatos coas trazas de pasos do xardín; os seus zapatos eran moito máis
grandes. En fin, o
hostaleiro na casa do cal paraba, asegurou que pasara toda a noite dándolle
fregas e medicamentos a unha das súas mulas que estaba doente. Ademais, aquel
aragonés era un home de boa reputación, moi coñecido na rexión á que viña
tódolos anos polo seu comercio. Deixárono marchar, pedíndolle desculpas. Xa
me esquecía da declaración dun criado que fora o último en ver ó señor
Alphonse con vida. Foi no momento en que ía subir ó cuarto da súa muller e,
chamando a este home, preguntoulle, moi preocupado, se sabía onde estaba eu. O
criado respondeu que non me vira. Entón o señor Alphonse suspirou e permaneceu
un minuto sen falar, despois dixo: ¡Vaia! ¡Levaríao o demo a el tamén! Pregunteille a
este home se o señor Alphonse levaba a sortella de diamantes cando lle falou. O
criado dubidou antes de responder; logo dixo que cría que non, que, de tódolos
xeitos, non se fixara moito. —Se tivera a
sortella no dedo –engadiu, rectificando–, habíame dar de conta, porque eu
pensaba que lla regalara á súa dona. Ó interrogar a
este home sentín algo do terror supersticioso que estendera por toda a casa a
declaración da señora de Alphonse. O fiscal do rei miroume sorrindo e eu
coideime moito de insistir. Algunhas horas
despois dos funerais polo señor Alphonse dispoñíame a abandonar Ille. O coche
do señor de Peyrehorade debíame conducir a Perpiñán. A pesar do seu estado de
debilidade, o pobre vello quíxome acompañar ata a porta do xardín. Atravesámolo
en silencio, el mal se arrastraba apoiado no meu brazo. No momento de
separármonos boteille unha última ollada á Venus. Presentía que o meu
anfitrión, aínda que non compartise os terrores e os odios que lle inspiraba a
unha parte da súa familia, querería
desfacerse dun obxecto que lle recordaría sen cesar a horrorosa desgracia. A miña intención era animalo a que a mandase
para un museo. Titubeaba para entrar en materia cando o señor de Peyrehorade
volveu maquinalmente a cabeza cara ó lugar a onde me vía mirar fixamente. Viu a
estatua, e ó momento rompeu a chorar. Abraceino e, sen ousar dicir palabra, subín
ó coche. Dende a miña
partida non souben de ningunha nova información que viñese aclarar aquela
misteriosa catástrofe. O señor de
Peyrehorade morreu uns meses despois do seu fillo. No testamento legoume os
seus manuscritos que quizais publique un día. Entre eles non atopei a memoria
relativa ás inscricións da Venus. P. S.: O meu amigo o señor de P. acaba de
escribirme desde Perpiñán que a estatua xa non existe. Despois da morte do seu
home, o primeiro que fixo a señora de Peyrehorade foi mandala fundir para facer
unha campá, e, baixo esta nova forma, serve á igrexa de Ille. Pero, engade o
señor de P., parece que a mala sorte persegue ós que posúen este bronce. Desde
que esa campá soa en Ille a xeada xa levou as viñas dúas veces. Notas 1. Montaña que domina o Rosellón, rexión do sur de Francia,
entre os Pireneos e o Mediterráneo, que pertenceu a España e na que aínda se
fala o catalán. 2. Mosteiro próximo a Ille. 3. Rei de Francia nese momento. 4. Famosos xardíns de París ornados de estatuas, algunhas
delas de Coustou. 5. Referencia a Molière, Amphitryon. 6. Virxilio, Eneida,
IV, 33: "Non coñéce-los presentes de Venus". 7. Antiga medida equivalente a 1,944 m (seis pés). 8. O xogo de morra vén sendo o que popularmente se chama
"chinchimonis" ou "os chinos". 9. Referencia a Racine. Phèdre, I, III. 10. Virxilio, Eneida : "Repartide lirios a mans cheas". |