Voltar

Honoré de Balzac

A vendeta

Versión galega de Emma Lázare Rodríguez

 

A vendetta

                                                                                         Dedicado a Puttinati

 

     En 1880, contra a fin do mes de outubro, un estranxeiro, acompañado por unha muller e unha nena, chegou ante as Tullerías en París, e detívose un bo anaco xunto ós escombros dunha casa recentemente demolida, no lugar onde se eleva hoxe a ala comezada que debía uni-lo castelo de Catarina de Médicis co Louvre dos Valois. Permaneceu alí, de pé, cos brazos cruzados e a cabeza inclinada que de vez en cando alzaba para mirar alternativamente o palacio consular e a súa muller sentada onda el nunha pedra. Aínda que a descoñecida non parecese ocuparse máis que da nena, duns nove ou dez anos, con longos cabelos negros que eran coma un entretemento entre as súas mans, non perdía ningunha das olladas que lle dirixía o seu compañeiro. Un mesmo sentimento, distinto do amor, unía aqueles dous seres, e animaba cunha mesma inquietude os seus movementos e as súas ideas. A miseria é, tal vez, o máis poderoso de tódolos lazos. O estranxeiro tiña unha desas cabezas de cabelo abundante, de anchos e graves trazos, que se ofreceron a miúdo ó pincel dos Carrache (1). Aqueles cabelos tan negros aparecían mesturados cunha gran cantidade de cabelos brancos. Se ben nobres e orgullosas, as súas faccións tiñan un ton de dureza que as desfiguraba. Malia a súa forza e o seu van dereito, aparentaba máis de sesenta anos. A súa roupa deteriorada anunciaba que viña dun país estranxeiro. Aínda que a cara da muller, noutrora fermosa e agora deslucida, revelaba unha profunda tristeza, cando o seu home ollaba para ela esforzábase por sorrir afectando un porte tranquilo. A nena permanecía de pé, a pesar do cansazo que lle marcaba o rostro novo, tostado polo sol. Tiña un aire italiano, grandes ollos negros baixo unhas cellas ben arqueadas, unha nobreza innata, unha gracia verdadeira. Máis dun transeúnte sentíase conmovido ante o aspecto daquel grupo de personaxes que non facían ningún esforzo por ocultar unha desesperación tan fonda como sinxela era a súa expresión; pero o manancial daquela fugaz cortesía que distingue os parisienses axiña se esgotaba. En canto o descoñecido se sentía obxecto da atención dalgún ocioso, mirábao cun aire tan feroz que o máis intrépido paseante apuraba o paso coma se pisase unha serpe. Despois de permanecer un bo intre indeciso, de pronto o alto estranxeiro pasou a man pola fronte, expulsou, por así dicir, os pensamentos que a sucaran de engurras e tomou unha decisión, sen dúbida desesperada. Tras botar unha ollada penetrante sobre a muller e a filla, sacou da chaqueta un longo puñal, deullo á súa compañeira e díxolle, en italiano :

     —Vou ver se os Bonaparte se lembran de nós.

     E camiñou cun paso lento e seguro cara á entrada do palacio, onde naturalmente foi detido por un soldado da garda consular co que non puido discutir moito tempo. Ó decatarse da obstinación do descoñecido, o sentinela presentoulle a súa baioneta a modo de ultimato. A casualidade quixo que nese momento tivese lugar o relevo da garda, e o cabo indicoulle moi cortesmente ó estranxeiro o lugar onde se achaba o comandante do posto.

     —Fágalle saber a Bonaparte que Bartholoméo di Piombo quería falar con el –díxolle o italiano ó capitán de servicio.

     Por máis que aquel oficial lle explicase a Bartholoméo que non se podía ver ó Primeiro Cónsul sen lle ter pedido audiencia por escrito de antemán, o estranxeiro empeñouse en que o militar fose avisar a Bonaparte. O oficial puxo como obxección as súas instruccións e negouse redondamente a obedece-la orde daquel singular solicitante. Bartholoméo engurrou o cello, botoulle unha ollada terrible ó comandante, e pareceu facelo responsable das desgracias que aquel rexeitamento podía ocasionar; despois, gardou silencio, cruzou os brazos enerxicamente e foise colocar baixo o pórtico que serve de comunicación entre o patio e o xardín das Tullerías. As xentes que desexan algo con fervor case sempre son socorridas polo azar. No momento en que Bartholoméo di Piombo sentaba nun dos marcos que hai xunto á entrada das Tullerías, chegou un coche do cal descendeu Lucien Bonaparte, daquela ministro do Interior.

     —¡Ah! ¡Lucien! ¡Que sorte atoparte! –exclamou o estranxeiro.

     Estas palabras, pronunciadas en dialecto corso, detiveron a Lucien no momento en que se  internaba so a bóveda, mirou ó seu compatriota e recoñeceuno. Ás primeiras palabras que Bartholoméo lle dixo ó oído, levou o corso canda el. Murat, Lannes e Rapp encontrábanse no gabinete do primeiro Cónsul. Ó ver entrar a Lucien seguido dun home tan singular como era Piombo, a conversación cesou, Lucien colleu a Napoleón pola man e conduciuno ó peitoril da ventá. Despois de intercambiar algunhas frases co seu irmán, o primeiro Cónsul fixo un xesto coa man ó cal obedeceron Murat e Lannes, saíndo. Rapp finxiu non ver nada, co fin de poder quedar alí. Vivamente interpelado por Bonaparte, o edecán saíu mostrando o seu desgusto. O primeiro Cónsul, que oíu o ruído dos pasos de Rapp no salón contiguo, saíu bruscamente e viuno preto da parede que separaba o gabinete do salón.

     —¿Non queres entender? –dixo o primeiro Cónsul–. Necesito estar só co meu compatriota.

     —Un corso –respondeu o edecán–. Desconfío demasiado desa xente como para non...

     O primeiro Cónsul non puido evitar sorrir e empurrou lixeiramente polos ombros ó seu fiel oficial.

     —¿E logo que vés facer por aquí, meu pobre Bartholoméo? –preguntoulle o primeiro Cónsul a Piombo.

     —Pedirche asilo e protección, se es un verdadeiro corso –respondeu Bartholoméo cun ton brusco.

     —¿Que desgracia te puido botar do país? Eras o máis rico, o máis...

     —Matei a tódolos Porta –replicou o corso cunha voz profunda, pregando o cello.

    O primeiro Cónsul deu dous pasos atrás coa sorpresa.

     —¿Vasme traizoar? –exclamou Bartholoméo botándolle unha ollada sombría a Bonaparte–. ¿Sabes que aínda quedamos catro Piombo en Córsega?

     Lucien colleu o brazo do seu compatriota e sacudiuno.

     —¿E logo vés aquí para ameazar ó salvador de Francia? –díxolle con viveza.

     Bonaparte fíxolle un aceno a Lucien, que calou. Despois mirou para Piombo e díxolle:

     —¿Por que matáche-los Porta?

     —Fixerámonos amigos –respondeu el–, os Barbanti reconciliárannos. Ó outro día de brindarmos para esquece-las nosas querelas, deixeinos porque tiña que facer en Bastia. Quedaron na miña casa e puxéronlle lume á miña viña de Longone. Mataron o meu fillo Gregorio. A miña filla Ginevra e maila miña muller escaparon deles; comungaran pola mañá, a Virxe protexeunas. Cando regresei xa non atopei casa, buscábaa cos pés nas cinzas. De pronto tropecei co corpo de Gregorio, que recoñecín á luz da lúa. “¡Oh, isto é obra dos Porta!,” dixen para min. Fun a escape ó maquis (2), alí xuntei algúns homes que me debían favores, ¿entendes, Bonaparte?, e marchamos cara á viña dos Porta. Chegamos alí ás 5 da mañá, ás 7 estaban todos diante de Deus. Giacomo pretende que Elisa Vanni salvou un neno, o pequeno Luigi; pero atárao eu mesmo á cama antes de lle poñer lume á casa. Marchei da illa coa miña muller e maila miña filla sen ter podido comprobar se era certo que Luigi Porta aínda vivía.

     Bonaparte ollaba para Bartholoméo con curiosidade, pero sen asombro.

     —¿Cantos eran? –preguntou Lucien.

     —Sete –respondeu Piombo–. Foron os vosos perseguidores noutros tempos –dixo. Estas palabras non espertaron ningunha expresión de odio nos dous irmáns–. ¡Ah! xa non sodes corso –exclamou Bartholoméo cunha especie de desesperación–. Adeus. Noutrora eu protexinvos –engadiu cun ton de reproche–. De non ser por min, a túa mai non tería chegado a Marsella –dixo, dirixíndose a Bonaparte, que quedara pensativo co cóbado apoiado na repisa da cheminea.

     —En conciencia, Piombo –respondeu Napoleón–, non te podo acoller baixo a miña protección. Agora son o xefe dunha gran nación, mando a república e debo facer executa-las leis.

     —¡Ah!, ¡ah! –exclamou Bartholoméo.

     —Pero podo facer por non ver –continuou Bonaparte–. O prexuízo da vendetta impedirá por moito tempo o reino das leis en Córsega –engadiu, falando para si–. Sen embargo cómpre destruílo ó prezo que sexa.

     Bonaparte quedou un momento silencioso e Lucien indicoulle cun signo a Piombo que non dixese nada. O corso xa abaneaba a cabeza a dereita e a esquerda nun xesto reprobatorio.

     — Fica aquí –seguiu o Cónsul, dirixíndose a Bartholoméo–, nós non sabemos nada. Vou mandar compra-las túas propiedades a fin de darche un medio de vida, para empezar. Logo, dentro dalgún tempo, xa pensaremos en ti. ¡Pero nada de vendetta! Aquí non hai maquis. Se úsa-lo puñal, non hai perdón que esperar. Aquí a lei protexe a tódolos cidadáns, e non fai a xustiza un mesmo.

     —Converteuse no xefe dun singular país –respondeu Bartholoméo, collendo a man de Lucien e apertándolla–. Pero vos axudádesme na desgracia, entre nós agora todo será a vida e a morte, e podedes dispoñer de tódolos Piombo.

     Tras estas palabras, a fronte do corso desengurrouse e mirou arredor del con satisfacción.

     —Non estades mal aquí –dixo sorrindo, coma se quixese aloxarse alí–. E ti vas todo vestido de encarnado coma se foses un cardeal.

     —Só dependerá de ti alcanza-lo éxito e ter un palacio en París –dixo Bonaparte, que observaba ó seu compatriota–. Máis dunha vez hei ter que ver de atopar arredor de min un amigo fiel en quen poida confiar.

     Un suspiro de gozo saíu do ancho peito de Piombo que lle tendeu a man ó primeiro Cónsul dicindo:

     —¡Aínda tes algo de corso!

     Bonaparte sorriu. Mirou silenciosamente a aquel home que lle traía, dalgún xeito, o aire da súa patria, daquela illa onde noutrora fora tan milagrosamente salvado do odio do partido inglés e que non volvería ver. Fíxolle un aceno a seu irmán que sacou de alí a Bartholoméo di Piombo. Lucien inquiriu con interese sobre a situación financeira do antigo protector da súa familia. Piombo levou ó ministro do Interior onda unha ventá e amosoulle a súa muller e Ginevra, ámbalas dúas sentadas sobre un montón de pedras.

     —Viñemos desde Fontainebleau aquí a pé, e non temos un can –dixo.

     Lucien deulle a súa bolsa ó compatriota e recomendoulle que viñese velo o día seguinte para tratar dos medios de asegura-la sorte da súa familia. O valor de tódolos bens que Piombo tiña en Córsega a penas chegaba para vivir de xeito honorable en París.

 

     Quince anos transcorreron entre a chegada  dos Piombo a París e a aventura seguinte que, sen o relato destes acontecementos, sería menos intelixible.

     Servin, un dos nosos artistas máis distinguidos, foi o primeiro en concibi-la idea de abrir un taller para a xente nova que quere tomar leccións de pintura. Este home, duns corenta anos, de costumes puros e enteiramente entregado á súa arte, casara por amor coa filla dun xeneral sen fortuna. Ó principio, as nais acompañaban elas mesmas ás súas fillas á casa do profesor; despois, acabaron por envialas soas unha vez que coñeceron os seus principios e apreciaron o coidado que poñía en merecer confianza. Nos planos do profesor entraba o non aceptar como alumnas máis que señoritas que pertencesen a familias ricas ou ben consideradas, para non ter que sufrir reproches sobre a composición do seu taller; mesmo rexeitaba acepta-las mozas que querían ser artistas, que necesitarían certas ensinanzas sen as que non hai talento posible en pintura. Insensiblemente, a súa prudencia, a superioridade coa que iniciaba ás súas alumnas nos segredos da arte, a certeza que as nais tiñan de sabe-las súas fillas na compaña de mozas ben educadas e a seguridade que inspiraban o carácter, os costumes e mailo matrimonio do artista, creáronlle nos salóns unha excelente reputación. Cando unha moza manifestaba o desexo de aprender a pintar ou a debuxar e súa nai pedía consello, a resposta de todos era:

     —¡Mándea á casa de Servin!

     Servin, pois, chegou a ser para a pintura feminina unha especialidade, como Herbault para os sombreiros, Leroy para as modas e Chevet para os comestibles. Todos recoñecían que unha moza que estudiara con Servin podía xulgar en última instancia os cadros do museo, facer perfectamente un retrato, copiar unha tea ou pintar un cadro de xénero. Este artista cubría, así, tódalas necesidades da aristocracia. Malia as relacións que tiña coas mellores casas de París, era independente, patriota, e mantiña con todo o mundo ese ton lixeiro, espiritual e, ás veces, irónico, esa liberdade de pensamento que distingue ós pintores. Levara o escrúpulo das súas precaucións ata a organización do local onde estudiaban as súas alumnas. A entrada do faiado, que se encontraba sobre a súa casa, fora tapiada. Para chegar ata aquel retiro, tan sagrado coma un harén, había que subir por unha escaleira practicada no interior da súa vivenda. O taller, que ocupaba todo o sobrado da casa, ofrecía esas proporcións enormes que sempre sorprenden ós curiosos unha vez que chegan a sesenta pés (3) do chan e esperan ve-los artistas aloxados no beirado. Aquela especie de galería estaba profusamente iluminada por inmensas vidreiras provistas desas grandes teas verdes coa axuda das cales os pintores distribúen a luz. Unha morea de caricaturas, de caras feitas dun trazo, con cor ou coa punta dun coitelo, sobre as paredes pintadas en gris escuro, probaban, salvo pola diferencia de expresión, que as mozas máis distinguidas teñen no maxín tanta tolemia coma a que poden te-los homes. Unha pequena estufa e os seus grandes tubos, que describían un impresionante zigzag antes de alcanza-las altas rexións do teito, constituían o adorno infalible daquel taller. Contornando as paredes, unha táboa sostiña modelos de arxila que xacían confusamente colocados, a maioría deles cubertos dun po louro. Por riba dese andel, aquí e alá, unha cabeza de Niobe pendurada dun cravo mostraba a súa pose de dor, unha Venus sorría, unha man presentábase de pronto ós ollos como a dun pobre esmoleiro, logo, algúns modelos esfolados, amarelecidos polo fume, semellaban membros arrincados, a véspera, nalgún cadaleito;  en fin, cadros, debuxos, manequíns, marcos sen teas e teas sen marcos acababan de lle dar a aquela estancia irregular a fisionomía dun taller que se distingue por unha singular mestura de ornamentación e de nudez, de miseria e de riqueza, de coidado e de incuria. Ese inmenso navío onde todo semella pequeno, incluso o home, ole a bambolina de ópera; alí atópanse trapos vellos, armaduras douradas, farrapos de tea, máquinas; pero hai un non sei qué, grande coma o pensamento: o xenio e a morte están alí; Diana ou Apolo xunto a un cranio ou un esqueleto, a beleza e a desorde, a poesía e a realidade, ricas cores en sombra, e a miúdo todo un drama inmóbil e silencioso. ¡Que símbolo dunha cabeza de artista!

     No momento en que comeza esta historia, o brillante sol do mes de xullo iluminaba o taller, e dous raios atravesábano en toda a súa profundidade trazando anchas bandas diáfanas de ouro nas que brillaban grans de po. Unha ducia de cabaletes elevaban as súas frechas agudas, semellantes a mastros de navío nun porto. Varias mozas animaban aquela escena coa variedade das súas fisionomías, das súas actitudes e coa diferencia dos seus vestidos. As fortes sombras que deitaban as xergas verdes, colocadas segundo as necesidades de cada cabalete, producían unha multitude de contrastes e de excitantes efectos de claroscuro. Aquel grupo formaba o máis fermoso de tódolos cadros do taller. Unha rapaza loura, vestida con simplicidade, permanecía afastada das súas compañeiras, traballaba con fervor parecendo preve-la desgracia; ninguén miraba para ela nin lle dirixía a palabra: ela era a máis bonita, a máis modesta e a menos rica. Dous grupos principias, separados un do outro por unha débil distancia, indicaban dúas sociedades, dous espíritos ata naquel taller onde o rango e a fortuna deberían ser esquecidos. Sentadas ou de pé, aquelas rapazas rodeadas das súas caixas de pinturas, que xogaban cos seus pinceis ou preparábanos, manexaban as brillantes paletas, pintaban, falaban, rían, cantaban, con espontaneidade, deixando ve-lo seu carácter,  compoñían un espectáculo descoñecido para os homes: esta, orgullosa, altiva, caprichosa, cos cabelos negros e fermosas mans, lanzaba ó chou a chama das súas miradas; aquela, despreocupada e alegre, co sorriso nos labios, os cabelos castaños, as mans brancas e delicadas, virxe francesa, lixeira, sen segunda intención, vivindo o momento presente; outra, soñadora, melancólica, pálida, inclinando a cabeza coma unha flor que cae; a súa veciña, pola contra, alta, indolente, de costumes musulmáns, con ollos grandes, negros, húmidos, falando pouco pero pensando e mirando ás furtadelas a cabeza de Antinous. No medio delas, coma o xocoso dunha peza española, chea de intelixencia e de saídas epigramáticas, unha moza espiábaas a todas cunha soa ollada, facíaas rir e levantaba sen cesar  a súa cara demasiado viva como para non ser bonita; mandaba no primeiro grupo de alumnas que comprendía as fillas de banqueiro, de notario e de home de negocios; todas ricas, pero soportando tódolos desdéns imperceptibles, aínda que punzantes, que lles prodigaban as outras mozas, pertencentes á aristocracia. Estas últimas estaban gobernadas pola filla dun oficial ministerial do gabinete do rei, pequena criatura, tan estúpida como va, e orgullosa de ter por pai un home que desempeñaba un cargo na Corte; sempre quería aparentar que entendera á primeira as observacións do mestre e parecía traballar de favor; usaba lentes, sempre viña moi engalanada, tarde, e suplicáballes ás súas compañeiras que falasen baixo. Neste segundo grupo podíanse observar vans deliciosos, facianas distinguidas; pero as olladas daquelas mozas ofrecían pouca inxenuidade. Se as súas actitudes eran elegantes e os seus movementos graciosos, as caras carecían de franqueza e adiviñábase doadamente que pertencían a un mundo no que a cortesía modela cedo os carácteres, ou o abuso dos goces sociais mata os sentimentos e desenvolve o egoísmo. Cando aquel grupo estaba completo, atopábanse entre o número daquelas rapazas rostros infantís, virxes dunha pureza encantadora, caras nas que a boca lixeiramente entreaberta deixaba ver uns dentes virxes, e sobre as que erraba un sorriso de virxe. O taller non asemellaba entón a un serrallo, senón a un grupo de anxos sentados nunha nube no ceo.

     Ó mediodía, Servin aínda non aparecera. Levaba uns días pasando a maior parte do tempo nun taller que tiña noutro lugar, onde estaba rematando un cadro para a exposición. De pronto, a señorita Amélie Thirion, xefa do partido aristócrata daquela pequena asemblea, falou un bo anaco coa súa veciña, fíxose un gran silencio no grupo das patricias; o partido da banca asombrado calou igualmente e intentou adiviña-lo tema de semellante conferencia; pero o segredo das mozas ultras pronto se coñeceu. Ergueuse Amélie, colleu un cabalete que estaba a uns pasos dela para colocalo a unha distancia bastante grande do nobre grupo, preto dun tabique ordinario que separaba o taller dun cuarto escuro onde se metían os xesos partidos, as teas condenadas polo profesor e a provisión de leña no inverno. A acción de Amélie levantou un murmurio de sorpresa que non lle impediu rematar aquela mudanza arrastrando con viveza onda o cabalete a caixa das pinturas e o tallo, todo, ata un cadro de Prudhon que copiaba a compañeira ausente. Despois dese golpe de Estado, se ben o Lado Dereito se puxo a traballar silenciosamente, o Lado Esquerdo non parou de falar.

     —¿Que vai dici-la señorita Piombo? –preguntoulle unha rapaza á señorita Mathilde Roguin, o oráculo malicioso do primeiro grupo.

     —Non é moza moi faladeira –respondeu esta–; pero dentro de cincuenta anos hase lembrar deste insulto coma se o recibise a véspera e ha saber vingarse cruelmente. É unha persoa coa que non me gustaría estar en guerra.

    —A proscrición con que a castigan é moi inxusta –dixo outra moza–, tendo en conta que antonte a señorita Ginevra estaba moi triste; din que seu pai acababa de dimitir. Así que isto vaina desgustar máis, mentres que ela foi moi boa con estas señoritas durante os Cen Días (4). ¿Díxolles algunha vez unha palabra que as puidese ferir? Ó contrario, evitaba falar de política. Pero as nosas ultras parecen actuar máis por celos que por espírito de partido.

     —Dáme gana de ir busca-lo cabalete da señorita Piombo e poñelo xunto ó meu –dixo Mathilde Roguin. Ergueuse, pero unha reflexión fíxoa volver sentar–. Cun carácter coma o da señorita Ginevra –dixo–, non se pode saber como tomaría a nosa cortesía, esperémo-lo acontecemento.

     —Eccola –dixo con languidez a moza dos ollos negros.

     En efecto, o ruído dos pasos dunha persoa que subía a escaleira deixouse oír na sala. Esas palabras, “¡Aí o ven!”, correron de boca en boca, e o máis fondo silencio reinou no taller.

     Para comprende-la importancia do ostracismo exercido por Amélie Thirion cómpre engadir que esta escena tiña lugar contra a fin do mes de xullo do 1815. O segundo retorno dos Borbóns acababa de trastornar moitas amizades que resistiran o movemento da primeira restauración. Naquel momento, nas familias, case todas con opinións divididas, repetíanse moitas desas deplorables escenas que manchan a historia de tódolos países en épocas de guerra civil ou relixiosa. Os nenos, as mozas, os vellos compartían a febre monárquica da que o goberno era presa. A discordia esvaraba baixo os teitos e a desconfianza tinguía coas súas cores sombrías as accións e os discursos máis íntimos. Ginevra Piombo idolatraba a Napoleón, ¿e como podería odialo? O emperador era o seu compatriota e o benfeitor de seu pai. O barón de Piombo era un dos servidores de Napoleón que máis eficazmente colaborara ó regreso da illa de Elba. Incapaz de renegar da súa fe política, desexoso incluso de confesala, o vello barón de Piombo permanecía en París no medio dos seus inimigos. Así que Ginevra Piombo podía contarse entre o número de persoas sospeitosas, tanto máis canto que non facía ningún misterio da dor que a segunda restauración lle causaba á súa familia. As únicas bágoas que quizá vertese na súa vida fóronlle provocadas pola dobre noticia da catividade de Bonaparte no Bellérophon  e polo arresto de Labédoyère (5).

     As xuvenís persoas que compoñían o grupo das nobres pertencían ás máis exaltadas familias monárquicas de París. Sería difícil dar unha idea das esaxeracións daquela época e do horror que causaban os bonapartistas. Por pequena e insignificante que poida parecer hoxe a acción de Amélie Thirion, naquel intre era unha expresión de odio moi natural. Ginevra Piombo, unha das primeiras alumnas de Servin, ocupaba a praza da que a querían privar desde o día en que viñera ó taller; o grupo aristocrático rodeáraa insensiblemente: botala dun sitio que, dalgún xeito, lle pertencía era non só inxuriala, senón causarlle unha especie de pena; pois tódolos artistas teñen un sitio de predilección para o seu traballo. Pero a animadversión política contaba, quizá, pouco na conducta daquel pequeno Lado Dereito do taller. Ginevra Piombo, a mellor das alumnas de Servin, era obxecto de profundos celos : o mestre profesaba tanta admiración polo talento como polo carácter daquela discípula favorita que servía de termo a tódalas súas comparacións; en fin, sen que se puidese explica-lo ascendente que aquela moza exercía sobre todo o que a rodeaba, gozaba sobre todo aquel pequeno mundo dun prestixio case igual ó de Bonaparte sobre os seus soldados. A aristocracia do taller decidira, desde había varios días, a caída daquela raíña; pero, como ninguén se atrevera aínda a se afastar da bonapartista, a señorita Thirion acababa de asestar un golpe decisivo, para converte-las súas compañeiras en cómplices do seu odio. Malia que Ginevra fose sinceramente querida por dúas ou tres das Realistas, case todas chamadas a capítulo na casa paterna con respecto á política, estas xulgaron, con ese tacto especial das mulleres, que debían permanecer indiferentes á querela. Á súa chegada, pois, Ginevra foi acollida por un profundo silencio. De tódalas mozas que acudiran ata entón ó taller de Servin, ela era a máis fermosa, a máis alta e a mellor feita. Os seus ademáns posuían un carácter de nobreza e de gracia que impoñía respecto. A súa cara impregnada de intelixencia respiraba de tal xeito esa animación especial dos corsos, que non exclúe a calma, que parecía resplandecer. O seu longo cabelo, os ollos e as pestanas negras expresaban a paixón. Se ben os cantos da boca se debuxasen brandamente e os seus beizos fosen un pouco demasiado grosos, neles pintábase esa bondade que lles dá ós seres fortes a conciencia da súa forza. Por un singular capricho da natureza, o encanto do seu rostro atopábase en certo modo desmentido por unha fronte de mármore na que se reflectía un orgullo case salvaxe, na que se respiraban os costumes de Córsega. Alí residía o único lazo que había entre ela e o seu país natal: en todo o resto da súa persoa, a simplicidade e o abandono propio das belezas lombardas seducían de tal modo, que non había que mirala para non lle causa-la menor pena. Inspiraba unha atracción tan viva que, por prudencia, o seu vello pai mandaba que a acompañasen ata o taller. O único defecto daquela criatura verdadeiramente poética proviña do poder mesmo da súa beleza tan considerablemente madura: parecía unha muller adulta. Rexeitara o matrimonio por amor a seu pai e a súa nai, sentíndose necesaria nos seus vellos días. O seu gusto pola pintura substituíra as paixóns que axitan comunmente ás mulleres.

     —Que silenciosas están hoxe, señoritas –dixo, despois de dar dous ou tres pasos entre as súas compañeiras–. Bos días, miña pequena Laure –engadiu cun ton doce e acariciante aproximándose á rapariga que pintaba lonxe das outras–. ¡Esa cara está moi ben!, as carnes son un pouco rosa de máis, pero está marabillosamente ben debuxada.

     Laure alzou a cabeza, mirou para Ginevra con tenrura e expandíronse ámbolos dous rostros expresando un mesmo cariño. Un débil sorriso animou os labios da italiana que parecía pensativa e que se dirixiu lentamente ó seu sitio mirando neglixentemente os debuxos ou os cadros e saudando a cada unha das mozas do primeiro grupo, sen reparar na insólita curiosidade que espertaba a súa presencia. Diríase unha raíña na súa Corte. Non lle prestou ningunha atención ó profundo silencio que reinaba entre as patricias e pasou por diante do seu campo sen pronunciar unha soa palabra.  A súa preocupación era tan grande que se puxo ante o cabalete, abriu a caixa de pinturas, colleu os pinceis, revestiu as mangas pardas, axustou o mantelo, mirou o seu cadro, examinou a paleta, sen pensar, por así dicir, no que facía. Tódalas caras do grupo das burguesas estaban viradas cara a ela. Se ben as mozas do campo Thirion non poñían tanta franqueza coma as compañeiras en mostra-la súa impaciencia, as súas olladas non por iso ían menos dirixidas sobre Ginevra.

     —Non se decata de nada –dixo a señorita Roguin.

     Nese momento, Ginevra abandonou a actitude meditativa coa que contemplara a tea, virou a cabeza cara ó grupo aristocrático. Mediu dunha soa ollada a distancia que a separaba del e gardou silencio.

    —Non cre que tivesen intención de a insultar –dixo Mathilde–, nin palideceu nin se ruborizou. ¡Que enfastiadas han quedar esas se se encontra mellor no novo sitio que no antigo!  Está fóra da liña, señorita –engadiu en voz alta, dirixíndose a Ginevra.

     A italiana finxiu non oír, ou se cadra nin oíu; levantouse repentinamente, andou con certa lentitude ó longo do tabique que separaba o cuarto escuro do taller, e pareceu examina-la vidreira de onde procedía a luz, dándolle tanta importancia que subiu a unha cadeira para atar máis arriba a xerga verde que interceptaba a luz. Cando chegou a esta altura, alcanzou unha fenda bastante pequena do tabique, verdadeiro obxectivo dos seus esforzos, pois a ollada que botou por alí só se pode comparar á dun avaro que descobre o tesouro de Aladino; descendeu con rapidez, volveu ó seu sitio, axustou o cadro, finxiu estar descontenta da luz, achegou ó tabique unha mesa sobre a que puxo unha cadeira, escalou lixeira aquela estada e mirou de novo pola fenda. Só lle botou unha ollada ó cuarto entón iluminado por unha bufarda que alguén abrira e o que alí viu produciulle unha sensación tan viva que se estremeceu.

     —Vai caer, señorita Ginevra –exclamou Laure.

     Tódalas mozas miraron á imprudente, que cambaleaba. O medo de que as compañeiras se achegasen onda ela deulle valor, recuperou as forzas e o equilibrio, volveuse cara a Laure bambeando sobre a cadeira e dixo cunha voz emocionada:

     —¡Bah!, ¡aínda é un pouco máis sólida ca un trono!

     Apresurouse a ata-la xerga, descendeu, empuxou a mesa e a cadeira ben lonxe do tabique, regresou ó cabalete e aínda fixo algunhas probas aparentando buscar unha masa de luz que lle conviñese. O cadro non a preocupaba, o seu obxectivo era aproximarse ó cuarto escuro xunto ó que se colocou, como ela quería, a carón da porta. Despois púxose a prepara-la paleta gardando o máis fondo silencio. Naquel sitio pronto oíu distintamente o lixeiro ruído que a véspera lle excitara tan fortemente a curiosidade e fixera acudir á súa imaxinación xuvenil un vasto campo de conxecturas. Recoñeceu facilmente a respiración forte e regular do home durmido que acababa de ver. A súa curiosidade estaba satisfeita máis aló das súas expectativas, pero encontrábase cargada dunha inmensa responsabilidade. A través da fenda albiscara a aguia imperial e, nun catre debilmente iluminado, a figura dun oficial da Garda. Adiviñouno todo: Servin agachaba a un proscrito. Agora temía que algunha das compañeiras viñese examina-lo seu cadro e oíse a respiración daquel infeliz, ou algunha aspiración demasiado forte, coma a que lle chegara ós oídos na última clase. Decidiu quedar xunto á porta, fiándose da súa habilidade para frustra-la mala sorte.

     “É mellor que estea aquí”, pensaba, “para prever un accidente sinistro, que deixar ó pobre prisioneiro á mercé dunha distracción.” Tal era o segredo da indiferencia aparente que Ginevra manifestara cando atopou o seu cabalete desprazado; interiormente quedou encantada, porque así puidera satisfacer con bastante naturalidade a súa curiosidade; ademais, naquel momento, estaba demasiado preocupada como para busca-la razón do desprazamento. Non hai nada máis mortificante para as mozas, como para todo o mundo, que ver unha maldade, un insulto ou unha frase enxeñosa perde-lo seu efecto polo desdén que mostra a víctima. Parece que o odio a un inimigo medra tanto coma a altura á que aquel se eleva por riba de nós. A conducta de Ginevra converteuse nun enigma para tódalas compañeiras. Amigas e inimigas quedaron igualmente sorprendidas; pois concedíanselle tódalas as calidades posibles, a excepción do perdón das inxurias. Aínda que as ocasións de despregar ese vicio do carácter se lle ofrecesen raramente a Ginevra nos acontecementos da súa vida no taller, os exemplos que tivera ocasión de dar canto ás súas disposicións vindicativas e á súa firmeza non causaran unha impresión menos profunda no espírito da súas compañeiras. Despois de moitas conxecturas, a señorita Roguin rematou por atopar no silencio da italiana unha grandeza de ánimo por encima de todo eloxio; e o seu círculo, inspirado por ela, formou o proxecto de humillar á aristocracia do taller. Conseguiron o seu obxectivo cun fogo de sarcasmos que abateu o orgullo do Lado Dereito. A chegada da señora Servin puxo fin a aquela loita de amor propio. Con esa finura que acompaña sempre a maldade, Amélie notara, analizara e comentara a prodixiosa preocupación que lle impedía a Ginevra oír a disputa agremente cortés da que era obxecto. A vinganza que a señorita Roguin e as súas compañeiras conseguían sobre a señorita Thirion e seu grupo tivo, entón, o fatal efecto de facerlles buscar ás mozas ultras a causa do silencio que gardaba Ginevra di Piombo. A bela italiana converteuse no centro de tódalas miradas, e foi espiada tanto polas súas amigas como polas súas inimigas. É moi difícil oculta-la máis mínima emoción, o máis lixeiro sentimento, a quince mozas curiosas, desocupadas, cunha malicia e cun enxeño que só piden segredos que adiviñar, intrigas que crear ou que desentrañar, e que saben buscar unha chea de interpretacións diferentes a un xesto, a unha ollada, a unha palabra, como para non descubri-lo seu verdadeiro significado. Así, o segredo de Ginevra di Piombo axiña correu o gran perigo de ser descuberto. Naquel momento a presencia da señora Servin produciu un entreacto no drama que se representaba xordamente no fondo daqueles corazóns novos con sentimentos, pensamentos e avances que eran expresados con frases case alegóricas, con maliciosas olladas, con xestos e co silencio mesmo, ás veces máis intelixible cá palabra. Tan pronto como a señora Servin entrou no taller, os seus ollos dirixíronse á porta xunto á que estaba Ginevra. Nas circunstancias presentes, esa mirada non foi pasada por alto. Se, ó primeiro, ningunha das alumnas lle prestou atención, máis tarde a señorita Thirion lembrouna e explicou a desconfianza, o temor e o misterio que puxeron, entón, un algo de fera nos ollos da señora Servin.

     —Señoritas –dixo–, o señor Servin non pode vir hoxe.

     Despois cumprimentou a cada moza, recibindo de todas moreas desas caricias femininas que están tanto na voz e nas miradas coma nos xestos. Chegou axiña onda Ginevra dominada por unha inquietude que en van disimulaba. A italiana e a muller do pintor fixéronse un aceno amigable e permaneceron as dúas silenciosas, a unha a pintar, a outra a ollar como pintaba. A respiración do militar oíase facilmente, pero a señora Severin non pareceu que se decatase; e tanto era o seu disimulo que Ginevra estivo tentada de acusala de xordeira voluntaria. Sen embargo, o descoñecido moveuse no leito. A italiana mirou fixamente para a señora Servin, que lle dixo entón, sen que o seu rostro experimentase a máis lixeira alteración:

     —A súa copia é tan fermosa coma o orixinal. Se tivera que escoller, veríame nun apuro.

     “O señor Servin non lle fixo á súa muller a confidencia deste misterio”, pensou Ginevra, que despois de lle responder á xuvenil señora cun doce sorriso de incredulidade, cantaruxou unha canzonetta do seu país para cubri-lo ruído que puidese face-lo prisioneiro.

     Era algo tan insólito oírlle á estudiosa italiana cantar, que tódalas raparigas sorprendidas miraron para ela. Posteriormente, esta circunstancia serviu como proba ás caritativas suposicións do odio. A señora Servin marchou pronto, e a sesión acabou sen outros acontecementos. Ginevra deixou marcha-las outras compañeiras e simulou querer traballar aínda un anaco; pero traizoábaa, sen decatarse, o seu desexo de quedar soa, pois a medida que as alumnas se ían preparando para saír botáballes unhas olladas de impaciencia mal disimulada. A señorita Thirion, transformada en poucas horas en cruel inimiga de quen a superaba en todo, adiviñou, por un instinto de odio, que a falsa aplicación da súa rival ocultaba un misterio. Máis dunha vez se estrañara ante a atención que Ginevra puxera en escoitar un ruído que ninguén oía. A expresión que sorprendeu no último instante nos ollos da italiana foi para ela un raio de luz. Saíu atrás de tódalas alumnas e baixou á casa da señora Servin, coa que falou un instante; logo finxiu que esquecera o bolso, subiu ó taller a modiño e albiscou a Ginevra empoleirada nunha estada feita apresuradamente, e tan absorta na contemplación do militar descoñecido que non sentiu o lixeiro ruído que producían os pasos da súa compañeira. Verdade é que, segundo unha expresión de Walter Scott, Amelia andaba como pisando ovos; alcanzou de présa a porta do taller e tusiu. Ginevra estremeceuse, virou a cabeza, viu a súa inimiga, ruborizouse, apresurouse a desata-la estameña para enganala sobre as súas intencións, e baixou tras ordena-la súa caixa de pinturas. Abandonou o taller levando gravada no recordo a imaxe dunha cara de home tan graciosa coma a do Endymion, obra mestra de Girodet, que copiara uns días antes.

     —¡Proscribir un home tan novo! ¿E logo, quen será? Porque o mariscal Ney non é.

 

 

     Estas dúas frases constitúen a expresión máis simple de tódalas ideas que Ginevra analizou durante dous días. Malia a súa dilixencia por chega-la primeira ó taller, de alí a un par de días xa encontrou alí a señorita Thirion que fora en coche. Ginevra e a súa inimiga observáronse un bo anaco; pero mostraron rostros impenetrables unha para a outra. Amélie vira a cara encantadora do descoñecido; mais por sorte e por desgracia á vez, as aguias e o uniforme non estaban situados no espacio que a fenda lle permitira entrever. Perdeuse, entón, en conxecturas. De súpeto chegou Servin, moito máis cedo que de costume.

     —Señorita Ginevra –dixo, despois de botar unha ollada ó taller–, ¿por que se puxo vostede aí? A luz é mala. Achéguese a estas mozas e baixe un pouco a cortina.

     Logo sentou onda Laure, o traballo da cal merecía as máis compracentes correccións.

     —¡Vaia! –exclamou–, velaí unha cara perfectamente trazada. Vostede será unha segunda Ginevra.

     O mestre foi de cabalete en cabalete, rifou, gabou, fixo bromas e, coma sempre, fixo máis teemibles as bromas cás reprimendas. A italiana non obedecera ás observacións do profesor e permanecía no seu posto coa firme intención de non se apartar de alí. Colleu unha folla de papel e púxose a esbozar á sepia a cara do pobre recluso. Unha obra concibida con paixón leva sempre un selo especial. A facultade para lles imprimir ás interpretacións da natureza ou do pensamento cores verdadeiras constitúe o xenio e ,ás veces, a paixón substitúeo. Así, na circunstancia en que se achaba Ginevra, a intuición que lle debía á súa memoria vivamente impresionada, ou a necesidade quizá, esa nai das grandes cousas, prestoulle un talento sobrenatural. A cabeza do oficial foi trasladada ó papel cun estremecemento interior, que ela atribuíu ó temor, e no cal un fisioloxista tería recoñecido a febre da inspiración. Deixaba esvarar, de cando en vez, unha ollada furtiva sobre as súas compañeiras, co fin de poder esconde-lo debuxo en caso de indiscreción por parte destas. Malia a súa activa vixilancia, houbo un momento en que non reparou nos lentes que a súa implacable inimiga, protexida tras un gran portafolios, enfocaba sobre o misterioso debuxo. A señorita Thirion, que recoñeceu o rostro do proscrito, alzou bruscamente a cabeza, e Ginevra apertou a folla de papel.

     —¿Por que fica aí malia a miña indicación, señorita? –preguntoulle gravemente o profesor a Ginevra.

     A alumna virou rapidamente o cabalete de maneira que ninguén puidese ve-lo seu debuxo, e dixo cunha voz emocionada mostrándollo ó mestre :

     —¿Non lle parece que esta luz é máis favorable? ¿Non era ben que ficase aquí?

     Servin palideceu. Como nada escapa ós ollos escrutadores do odio, a señorita Thirion participou, por así dicir, como terceira, nas emocións que axitaron ó mestre e mais á alumna.

     —Ten razón –dixo Servin–. E logo saberá máis ca min –engadiu cun riso forzado.    

     Houbo unha pausa durante a cal o profesor contemplou a cara do oficial.

     —Esta é unha obra de arte digna de Salvator Rosa –exclamou cunha enerxía de artista.

     Ante esa exclamación tódalas mozas se levantaron, e a señorita Thirion acudiu coa velocidade do tigre que se lanza sobre a súa presa. Nese momento, espertado polo ruído, moveuse o proscrito. Ginevra fixo cae-lo seu tallo, pronunciou unhas frases bastante incoherentes e botou a rir; pero pregara o retrato e metérao no seu portafolios antes de que a súa temible inimiga o puidese ver. Rodearon o cabalete, Servin detallou en voz alta as belezas da copia que facía naquel momento a súa alumna favorita, e todo o mundo foi enganado por esta estrataxema, menos Amélie que, colocándose detrás das compañeiras, intentou abri-lo portafolios no que vira mete-lo debuxo. Ginevra colleu o cartón e púxoo diante dela sen dicir unha palabra. As dúas mozas examináronse entón en silencio.

     —Veña, señoritas, ós seus postos –dixo Servin–. Se queren saber tanto coma a señorita Piombo, non hai que estar sempre falando de modas ou bailes nin perde-lo tempo como fan vostedes.

     Cando todas aquelas raparigas regresaron ós seus cabaletes, Servin sentou onda Ginevra.

     —¿Non valía máis que ese misterio fose descuberto por min que por outra? –dixo a italiana, falando en voz baixa.

     —Si –respondeu o pintor–. Vostede é patriota; pero aínda que non o fose, sería a vostede a quen llo confiaría.

     O mestre e a alumna comprendéronse, e Ginevra xa non temeu preguntar:

     —¿Quen é?

     —O amigo íntimo de Labédoyère, o que máis contribuíu, despois do infortunado coronel, á reunión do sétimo cos granadeiros da illa de Elba. Era xefe de escuadrón na Garda e regresa de Waterloo.

     —¿Como no queimou vostede o seu uniforme e mailo chacó, e non lle deu roupa de civil? –preguntou vivamente Ginevra.

     —Téñenmos que traer esta noite.

     —Debería ter pechado o taller por uns días.

     —Vai marchar.

     —¿E logo quere morrer? –dixo a moza–. Déixeo estar na súa casa os primeiros días da tormenta. París aínda é o único lugar de Francia onde se pode esconder con seguridade un home. ¿É amigo seu? –preguntoulle.

     —Non, non ten máis títulos de recomendación cá súa desgracia. Mire como caeu nos meus brazos: meu sogro, que se reincorporara ó servicio nesta campaña, atopou ese pobre mozo, e, moi sutilmente, salvouno das poutas dos que arrestaron a Labédoyère. ¡O insensato queríao defender!

     –¿E é vostede quen lle chama así? –exclamou Ginevra, lanzando unha ollada de sorpresa ó pintor, que gardou silencio por un momento.

     —A meu sogro espíano demasiado como para que poida esconder a ninguén na súa casa –continuou–. Así que mo trouxo unha noite, a semana pasada. Eu esperaba subtraelo a tódalas miradas meténdoo nese recuncho, o único lugar da casa onde pode estar seguro.

     —Se eu lle podo ser útil, conte comigo –dixo Ginevra–, coñezo ó mariscal Feltre.

     —¡Pois, xa veremos! –respondeu o pintor.

     Esta conversación durou demasiado como para non ser notada por tódalas mozas. Servin deixou a Ginevra, volveu pasar por cada cabalete, e deu unhas explicacións tan longas que aínda estaba na escaleira cando soou a hora á que as alumnas adoitaban marchar.

     —Esquece o bolso, señorita Thirion –exclamou o profesor, correndo trala moza que se rebaixaba ó oficio de espía para satisface-lo seu odio.

     A curiosa alumna veu busca-lo bolso manifestando un aquel de sorpresa polo seu despiste, pero a cautela de Servin foi para ela unha nova proba da existencia dun misterio da gravidade do cal xa non dubidaba; imaxinara o que debía ser, e podería dicir coma o abade Vertot: “O meu asedio xa está feito”. Descendeu ruidosamente a escaleira e tirou violentamente pola porta que daba ó piso de Servin, para facer crer que saía; pero volveu subir a modiño, e quedou detrás da porta do taller. Cando o pintor e Ginevra se creron sos, este petou de certa maneira á porta do cuarto escuro, que xirou inmediatamente sobre os seus gonzos enferruxados e estridentes. A italiana viu aparecer un mozo alto e ben feito, co uniforme imperial, que lle fixo bate-lo corazón. O oficial levaba un brazo en estribeira, e a palidez do seu cute acusaba vivos sufrimentos. Ó ver unha descoñecida sobresaltouse. Amélie, que non podía ver nada, tivo medo de permanecer alí por máis tempo; pero abondoulle con oír renxe-la porta, e marchou sen facer ruído.

     —Non tema nada –díxolle o pintor ó oficial–; a señorita é a filla do amigo máis fiel do emperador, o barón de Piombo.

     O mozo militar xa non tivo dúbidas sobre o patriotismo de Ginevra, despois de vela.

     —¿Está ferido? –preguntou ela.

     —¡Oh!, non é nada, señorita, a ferida está a pechar.

     Nese momento, as voces berronas e penetrantes dos vendedores ambulantes chegaron ata o taller : “O xuízo que condena a morte...”  Sobresaltáronse os tres. O soldado foi o primeiro en oír un nome que o fixo palidecer.

     —¡Labédoyère! –dixo, caendo sobre o tallo.

     Miráronse en silencio. Na fronte lívida do mozo formáronse unhas pingas de suor, colleu cunha man, nun xesto de desesperación, as mechas negras da súa cabeleira e apoiou o cóbado no bordo do cabalete de Ginevra.

     —Despois de todo –dixo, erguéndeose bruscamente–, Labédoyère e mais eu sabiámo-lo que faciamos. Coñeciámo-la sorte que nos esperaba tralo triunfo coma trala caída. El morre pola causa, e eu escóndome...

     Foi precipitadamente á porta do taller; pero máis rápida ca el, Ginevra lanzárase e cortáballe o paso.

     —¿Restablecerá vostede ó emperador? –preguntou–. ¿Cre que pode levantar ese xigante cando el mesmo non soubo manterse en pé?

     —¿Que queren que faga de min? –dixo entón o proscrito, dirixíndose ós dous amigos que lle enviara o azar. Non teño un só parente no mundo, Labédoyère era o meu protector e amigo, estou só; mañá quizá serei proscrito ou condenado, nunca tiven máis fortuna cá miña paga, gastei o meu último escudo para vir arrebatar a Labédoyère da súa sorte e intentar rescatalo; así que a morte é unha necesidade para min. Cando un está decidido a morrer, cómpre saber venderlle a cabeza ó verdugo. Eu pensaba, hai un intre, que a vida dun home honrado ben vale a de dous traidores, e que unha puñalada ben asestada pode outorga-la inmortalidade.

     Este acceso de desesperación asustou ó pintor e á mesma Ginevra, que comprendeu ó mozo. A italiana admirou aquela bela faciana e aquela voz deliciosa da que a dozura a penas se vía alterada polos accesos de furia; despois botou, de pronto, un bálsamo sobre tódalas feridas do infortunado.

     —Señor –dixo–, en canto ó seu aperto pecuniario permítame ofrecerlle o ouro das miñas economías. Meu pai é rico, eu son a súa única filla, quéreme e estou segura de que non me ha censurar. Non teña escrúpulos en aceptar: os nosos bes veñen do emperador, nós non temos un céntimo que non sexa efecto da súa munificencia. ¿Non é ser agradecidos axudar a un dos seu fieis soldados? Colla esta suma con tan pouca cerimonia como eu poño en ofrecerlla. Só é diñeiro, engadiu cun ton de desprezo. Agora, en canto ós amigos, ¡haos atopar! –Aí, alzou con orgullo a testa, e os seus ollos brillaron cun resplandor inusitado–. A cabeza que vai caer mañá ante unha ducia de fusís salva a súa, continuou. Espere a que pase esta tormenta e poderá ir buscar servicio no estranxeiro se non o esquecen, ou no exército francés se o esquecen.

     Hai, nos consolos que dá unha muller, unha delicadeza que sempre ten algo de maternal, de previsor, de completo. Pero, cando a estas palabras de paz e de esperanza se unen a gracia dos xestos, esa elocuencia que sae do corazón, e cando, sobre todo, a benfeitora é fermosa, é moi difícil para un home novo resistirse. O coronel aspirou o amor por tódolos sentidos. Unha lixeira tinguidura rosa matizou as súas meixelas brancas, os seus ollos perderon un pouco da melancolía que os embazaba, e dixo cun ton de voz especial:

     —¡É vostede un anxo de bondade! ¡Pero Labédoyère –engadiu–, Labédoyère!

      A esta exclamación fitáronse os tres en silencio, e comprendéronse. Xa non eran uns amigos de vinte minutos, senón de vinte anos.

     —Querido amigo –dixo Servin–, ¿pode vostede salvalo?

     —Podo vingalo.

     Ginevra estremeceuse: aínda que o descoñecido fose fermoso, o seu aspecto non emocionara á rapaza; a doce compaixón que as mulleres atopan no seu corazón para as miserias que non teñen nada de innobre, afogara en Ginevra toda outra afección; pero ¿oír un berro de vinganza, encontrar naquel proscrito unha alma italiana, abnegación por Napoleón, xenerosidade ó estilo corso?... era demasiado para ela; contemplou, pois, o oficial cunha emoción respectuosa que lle axitou fortemente o corazón. Por primeira vez, un home facíalle experimentar un sentimento tan vivo. Coma tódalas mulleres, compraceuse en poñe-la alma do descoñecido en harmonía coa distinguida fermosura das súas faccións, coas felices proporcións da súa talla que admirou como artista. Levada polo azar da curiosidade á compaixón, da compaixón a un poderoso interese, chegaba desde ese interese a sensacións tan profundas que considerou perigoso permanecer alí por máis tempo.

     —Ata mañá –dixo, deixándolle ó oficial o máis doce dos seus sorrisos como consolo.

     Ó ver ese sorriso, que proxectaba como unha nova luz sobre o rostro de Ginevra, o descoñecido esqueceu todo durante un instante.

     —Mañá –respondeu con tristeza–, mañá, Labédoyère...

     Ginevra deu a volta, puxo un dedo nos labios e mirouno como dicíndolle: “Acougue, sexa prudente.”

     Entón o mozo exclamou :

    —O Dio! che non vorrei vivere dopo averla veduta! (¡Oh Deus! ¡quen non querería vivir despois de vela!)

     O particular acento co que pronunciou esta frase fixo que Ginevra se estremecese.

     —¿Vostede é corso? –exclamou, volvendo onda el co corazón palpitante de gozo.

     —Nacín en Córsega –respondeu–; pero leváronme moi novo a Xénova; e en canto alcancei a idade de entrar no servicio militar, enroleime.

     A beleza do descoñecido, a atracción sobrenatural que lle prestaban o apego ó emperador, a ferida, a desgracia, o perigo mesmo, todo desapareceu ós ollos de Ginevra, ou máis ben, todo se fundiu nun só sentimento, novo, delicioso. Aquel proscrito era un fillo da Córsega ¡falaba a lingua querida!  A moza quedou durante un instante inmóbil, paralizada por unha sensación máxica; tiña ante os seus ollos un cadro vivo ó cal tódolos sentimentos humanos xuntos, sumados ó chou, prestaban vivas cores: a instancias de Servin, o oficial sentara nun diván, o pintor desanoara o chal que suxeitaba o brazo do seu hóspede e ocupábase de desface-la vendaxe para lle cura-la ferida. Ginevra tremeu ó ve-la longa e ancha chaga que a folla dun sabre fixera no antebrazo do mozo, e deixou escapar un lamento. O descoñecido levantou a testa cara a ela e sorriu: había algo conmovedor e que chegaba á alma no coidado con que Servin sacaba as fías e apalpaba a carne magoada, mentres que a cara do ferido, aínda que pálida e enfermiza, expresaba, ante o aspecto da moza, máis pracer ca sufrimento. Unha artista tiña que admirar involuntariamente esa oposición de sentimentos e os contrastes que producían a brancura das teas e a nudez do brazo, co uniforme azul e encarnado do oficial. Nese momento, unha suave escuridade envolvía o taller; pero un último raio de sol veu ilumina-lo lugar no que se encontraba o proscrito, de sorte que o nobre e branco rostro, o seu cabelo negro, a súa roupa, todo foi inundado pola luz. Ese efecto tan simple, a supersticiosa italiana tomouno por un feliz presaxio. O descoñecido semellaba, así, un celeste mensaxeiro que lle facía oí-la linguaxe da patria, e que a sumía no encanto das lembranzas da súa infancia, mentres que no seu corazón nacía un sentimento tan fresco, tan puro coma a súa primeira idade de inocencia. Durante un momento moi curto, quedou pensativa e como somerxida nun pensamento infinito; logo ruborizouse por ter deixado ve-la súa preocupación, cambiou unha doce e rápida ollada co proscrito e fuxiu, pero seguía a velo.

     O día seguinte non era día de clase. Ginevra foi ó taller, e o prisioneiro puido estar preto da súa compatriota; Servin, que tiña que rematar un esbozo, permitiulle ó recluso ficar, servindo de mentor ós dous mozos que conversaban a miúdo en corso. O pobre soldado contou os seus sufrimentos na derrota de Moscova, pois encontrárase no paso da Berezina, con dezanove anos, só no seu rexemento despois de perder entre os seus camaradas ós únicos homes que se interesaran por un orfo.  Pintou con trazos de fogo o gran desastre de Waterloo. A súa voz foi unha música para a italiana. Educada á corsa, Ginevra era dalgún xeito filla da natureza, ignoraba a mentira e entregábase sen rodeos ás súas impresións, confesábaas, ou máis ben, deixábaas adiviñar sen os manexos da pequena e calculadora coquetería das mociñas de París. Aquel día permaneceu, máis dunha vez, coa paleta nunha man, o pincel na outra, sen que o pincel abeberase nas cores da paleta: cos ollos presos no oficial e a boca lixeiramente entreaberta, escoitaba, sempre lista para dar unha pincelada que non daba nunca. Non se sorprendía de atopar tanta dozura nos ollos do mozo, pois sentía que os seus se tornaban doces malia a súa vontade de mantelos severos e tranquilos. Logo, pintaba cunha atención especial e durante horas enteiras, sen alzar a cabeza, porque el estaba alí, preto dela, mirando como traballaba. A primeira vez que el foi sentar alí para contemplala en silencio, ela díxolle con emoción na voz, tras unha longa pausa:

     —¿E logo, gústalle ver pintar?

     Aquel día soubo que se chamaba Luigi. Antes de se separaren, acordaron que, os días de taller, se ocorría algún acontecemento político importante, Ginevra instruiríao cantando en voz baixa certas cancións italianas.

     Ó día seguinte, a señorita Thirion contoulles en segredo a tódalas súas compañeiras que Ginevra di Piombo era amada por un home novo que viña, durante as horas dedicadas ás clases, instalarse no cuarto escuro do taller.

     —Vostede que a defende tanto –díxolle á señorita Roguin–, obsérvea ben e verá en que pasa o tempo.

     Ginevra foi, pois, observada cunha atención diabólica. Escoitaron as súas cancións, espiaron as súas olladas. No momento en que cría que ninguén a miraba, unha ducia de ollos estaban incesantemente fixos sobre ela. Así sobre aviso, aquelas rapazas interpretaron o verdadeiro senso das axitacións que pasaron polo brillante rostro da italiana, os seus xestos, o acento particular do seu cantaruxar e o aire atento co que a vían escoitar sons indistintos que unicamente ela oía a través do tabique. Ó cabo dunha semana, só unha das quince alumnas de Servin, Laure, resistira ó desexo de examinar a Luís pola fenda do tabique; e, por un instinto de debilidade, aínda defendía á bela corsa; a señorita Roguin quixo facela quedar na escaleira á hora de marchar co fin de lle demostra-la intimidade de Ginevra e do guapo mozo, sorprendéndoos xuntos; pero ela negouse a rebaixarse a unha espionaxe que a curiosidade non xustificaba e converteuse no obxecto da reprobación xeral. Pronto a filla do oficial do gabinete do rei encontrou pouco conveniente vir ó taller dun pintor de opinións que tiñan un cariz de patriotismo ou de bonapartismo, o que, naquela época, parecía unha soa e mesma cousa, así que non volveu á casa de Servin. Se ben Amélie esqueceu a Ginevra, o mal que sementara deu os seus froitos. Insensiblemente, por casualidade, por leria ou por puritanismo, tódalas outras mozas instruíron ás súas nais sobre a estraña aventura que tiña lugar no taller. Un día Mathilde Roguin non veu, na clase seguinte foi outra rapaza; en fin, tres ou catro daquelas damiñas, que quedaran das últimas, non volveron máis. Ginevra e a señorita Laure, a súa amiga, foron durante dous ou tres días as únicas habitantes do taller deserto. A italiana non reparou no abandono en que se encontraba, e nin sequera buscou a causa da ausencia das súas compañeiras. Des que tivo inventado os medios de se comunicar con Luís, viviu no taller coma nun delicioso retiro, soa no medio dun mundo, sen pensar máis que no oficial e nos perigos que o ameazaban. Esta moza, ben que sinceramente admiradora dos nobres carácteres que non queren traizoa-la súa fe política, apremaba a Luís para que se sometese en seguida á autoridade real, a fin de podelo conservar en Francia, e Luís non se quería someter para non saír do seu escondedoiro. Se as paixóns só nacen e medran baixo a influencia de causas novelescas, nunca tantas circunstancias concorreron para ligar a dous seres por un mesmo sentimento. A amizade de Ginevra por Luís e de Luís por aquela moza progresou máis nun mes do que unha amizade mundana o fai en dez anos nun salón. ¿Non é a adversidade a pedra de toque dos carácteres? Ginevra puido así apreciar facilmente a Luís, coñecelo, e axiña sentiron unha estima recíproca. Máis vella ca Luís, Ginevra atopou moita dozura en ser cortexada por un mozo xa tan adulto, tan probado pola sorte e que unía á experiencia dun home as gracias da adolescencia. Pola súa banda, Luís sentiu un indicible pracer en deixarse protexer en aparencia por unha rapaza de vintecinco anos. ¿Non era iso unha proba de amor? A unión da dozura e do orgullo, da forza e da febleza presentaba irresistibles atractivos en Ginevra, así Luís quedou enteiramente subxugado por ela. En fin, amábanse tan fondamente xa, que non tiveron necesidade nin de o negar nin de o dicir.

     Certo día, contra o serán, Ginevra oíu o sinal acordado: Luís tocaba cun alfinete contra a madeira de modo que non producía máis ruído ca unha araña facendo a súa tea e pedía así saír do seu retiro; ela botoulle unha ollada ó taller, non viu a pequena Laure e respondeu ó sinal; pero ó abri-la porta, Luís viu a alumna e meteuse para dentro precipitadamente. Asombrada, Ginevra mira arredor, atopa a Laure e dille acercándose ó seu cabalete:

     —Que tarde queda vostede, querida. Sen embargo esta cabeza xa me parece rematada, só hai que lle dar un reflexo no alto desta trenza de cabelo.

     —Que boa sería vostede se me quixese corrixir esta copia –dixo Laure emocionada–, podería conservar algo seu...

     —Con moito gusto –respondeu Ginevra, segura de poder así despedila–. Cría –continuou, dando unhas lixeiras pinceladas–, que tiña moito que andar ata a súa casa desde o taller.

     —¡Oh! Ginevra, voume ir para sempre –exclamou a moza con tristeza.

     —¿Deixa ó señor Servin? –preguntou a italiana, sen se mostrar afectada por aquelas palabras como o estaría un mes antes.

     —¿E logo non se dá conta, Ginevra, de que dende hai algún tempo aquí só quedamos vostede e mais eu?

     —É certo –respondeu Ginevra, sorprendida de pronto coma por un recordo–. ¿Estarán enfermas estas señoritas, casarían ou os seus pais estarán todos de servicio no palacio?

     —Todas abandonaron ó señor Servin –respondeu Laure.

     —¿E por que?

     —Por vostede, Ginevra.

      —¡Por min! –repetiu a moza corsa levantándose, coa fronte ameazante, a actitude orgullosa e os ollos brillantes.

     —¡Oh!, non se anoxe, miña querida Ginevra –exclamou sentidamente Laure–. Pero miña nai tamén quere que eu saia do taller. Todas estas señoritas dixeron que vostede tiña unha intriga, que o señor Servin se prestaba a que un mozo que a ama permanecese no cuarto escuro; eu nunca crin esas calumnias e non lle dixen nada a miña nai. Onte á noite, a señora Roguin atopou a miña nai nun baile e preguntoulle se aínda me enviaba aquí. Ante a resposta afirmativa de miña nai, contoulle as mentiras desas rapazas. A mamá rifoume moito, pretendía que eu debía saber todo iso, que traizoara a confianza que reina entre unha nai e a súa filla ó non llo contar. ¡Oh, querida Ginevra! Eu que a tiña a vostede por modelo, canto me amola non poder ficar na súa compaña...

     —Atoparémonos na vida: as mozas casan... –dixo Ginevra.

     —Se son ricas –respondeu Laure.

     —Ven a verme, meu pai ten unha fortuna...

     —Ginevra –continuou Laure, conmovida–, a señora Roguin e maila miña nai van vir mañá á casa de Servin para reprocharllo, a menos que alguén o avise.

     Un raio que caera a dous pasos de Ginevra deixaríaa menos abraiada ca aquela revelación.

     —¿E que lles importa a elas? –preguntou inxenuamente.

     —A todo o mundo lle parece moi mal. A mamá di que é contrario á moral...

     —¿E vostede, Laure? ¿Que pensa vostede?

     A rapaza ollou para Ginevra, os seu pensamentos confundíronse; Laure non puido aguanta-las bágoas, botouse no colo da súa amiga e abrazouna. Nese momento chegou Servin.

     —Señorita Ginevra –dixo con entusiasmo–, terminei o meu cadro, estano vernizando. ¿Pero, que lles pasa? Parece que todas estas mozas colleron vacacións ou foron para o campo.

     Laure secou as bágoas, saudou a Servin e retirouse.

     —Hai varios días que o taller está deserto –dixo Ginevra–, e estas rapazas non van volver máis.

     —¡Bah!...

     —¡Oh!, non ría –repuxo Ginevra–, escoite: eu son a causa involuntaria da perda da súa reputación.

     O artista sorriu e dixo, interrompendo á alumna:

     —¿A miña reputación...? Pero se dentro duns días se vai expoñe-lo meu cadro.

     —Non se trata do seu talento –dixo a italiana–, senón da súa moralidade. Estas mozas foron dicindo que Luís estaba encerrado aquí e que vostede se prestaba... ó... ó noso amor...

     —Hai algo de verdade niso, señorita –respondeu o profesor–. As mais destas mozas son unhas beatas –continuou–. Se viñesen falar comigo todo quedaría explicado. Pero, ¿preocuparme por iso? ¡A vida é demasiado curta!

     E o pintor estalou os dedos por riba da súa cabeza. Luís, que oíra parte desta conversa acudiu inmediatamente.

     —Vai perder tódalas súas alumnas –exclamou–, eu serei a súa ruína.

     O artista colleu a man de Luís e a de Ginevra, uniunas.

     —¿Van casar, meus fillos? –preguntoulles cunha conmovedora franqueza. Baixaron os dous os ollos, e o seu silencio foi a primeira confesión que se fixeron–. ¡Pois ben! –seguiu Servin–, han ser felices, ¿verdade? ¿Hai algo que poida paga-la felicidade de dous seres coma vostedes?

      —Eu son rica, dixo Ginevra, e vostede permitirame indemnizalo...

     —¡Indemnizarme...! –exclamou Servin–. Cando se saiba que fun víctima das calumnias dunhas poucas estúpidas e que ocultaba a un proscrito, ¡tódolos liberais de París me han envia-las súas fillas! Entón quizá estea en débeda con vostedes...

     Luís apertou a man do seu protector sen poder pronunciar unha palabra; por fin dixo, cunha voz entenrecida:

     —Así que lle deberei a vostede toda a miña felicidade.

     —Que sexan felices, eu únoos –dixo o pintor, cunha unción cómica impoñendo as mans sobre as cabezas dos dous amantes.

     Esta broma do artista puxo fin ó seu entenrecemento. Miráronse os tres a rir. A italiana apertou fortemente a man de Luís, cunha sinxeleza digna dos costumes da súa patria.

     —¡Ai, queridos fillos! –continuou Servin–, ¿pensan que agora todo vai de marabilla? Pois engánanse.

     Os dous amantes observárono con asombro.

     —Tranquilícense, a súa travesura só me prexudica a min. A señora Servin é un pouco “estirada” e, a verdade, non sei como nos arrañaremos con ela.

     —¡Deus!, ¡xa me esquecía! –exclamou Ginevra–. Mañá, a señora Roguin e a nai de Laure van vir á súa casa...

     —¡Xa entendo! –dixo o pintor, interrompéndoa.

     —Pero pode vostede xustificarse –seguiu a moza, deixando escapar un xesto cheo de orgullo–. ¿O señor Luís –dixo, volvéndose e mirando para el con sutileza, xa non debe sentir antipatía polo goberno real? ¡Pois ben! –continuou despois de ver que sorría, mañá pola mañá enviarei unha petición a un dos personaxes máis influentes do ministerio da Guerra, a un home que non lle pode negar nada á filla do barón di Piombo. Obterémo-lo perdón tácito para o comandante Luís, pois eles non lle quererán recoñece-lo grao de coronel. E vostede –engadiu dirixíndose a Servin–, poderá confundir ás nais das miñas caritativas compañeiras dicíndolle-la verdade.

     —¡É vostede un anxo! –exclamou Servin.

 

     Mentres que se desenvolvía esta escena no taller, o pai e maila nai de Ginevra impacientábanse porque non regresaba.

     —Son as seis, e Ginevra aínda non está de volta –exclamou Bartholoméo.

     —Nunca volveu tan tarde –respondeu a muller de Piombo.

     Os dous vellos fitáronse con tódolos sinais dunha ansiedade pouco común. Demasiado nervioso para permanecer inactivo, Bartholoméo levantouse e deu dúas veces a volta ó salón con bastante axilidade para un home de setenta e sete anos. Gracias á súa robusta constitución, sufrira poucos cambios desde o día da súa chegada á París e, malia a súa elevada talla, aínda se mantiña dereito. Os seus cabelo,s agora brancos e escasos, deixaban ó descuberto un cranio ancho e protuberante que daba unha alta idea do seu carácter e da súa firmeza. A cara sucada de profundas engurras adquirira un gran desenvolvemento e conservaba ese matiz pálido que inspira veneración. O ímpeto das paixóns reinaba aínda no fogo sobrenatural dos seus ollos cunhas cellas que non branquearan de todo e que conservaban a súa terrible mobilidade. O aspecto daquela cara era severo, pero víase que Bartholoméo tiña dereito a ser así. A súa bondade e dozura só eran coñecidas pola súa muller e pola súa filla. Nas súas funcións ou ante un estraño non abandonaba nunca a maxestade que o tempo imprimía á súa persoa, e o costume de prega-las grosas cellas, de contraer as engurras da cara, de lle dar á súa ollada unha fixeza napoleónica, facía glacial o primeiro contacto con el. No decurso da súa vida política, fora xeralmente tan temido que pasaba por pouco sociable; pero non é difícil explica-las causas desta reputación. A vida, os costumes e maila fidelidade de Piombo eran censuradas pola maior parte dos cortesáns. A pesar das delicadas misións confiadas á súa discreción, e que para calquera outro terían sido lucrativas, non posuía máis dunhas trinta mil libras de renda inscritas no Libro Maior. Se é que se pensa no baixo das rendas durante o Imperio, na liberalidade de Napoleón con aqueles dos seus fieis servidores que sabían falar, é fácil decatarse de que o barón de Piombo era un home dunha probidade severa; só lle debía a súa dignidade de barón á necesidade na que se encontrara Napoleón de lle dar un título para envialo a algunha corte estranxeira. Bartholoméo sempre profesara un odio implacable ós traidores dos que se rodeou Napoleón crendo conquistalos a forza de victorias. Foi el quen, segundo se dixo, deu tres pasos cara á porta do gabinete do emperador, despois de lle ter aconsellado que se desfixese de tres homes en Francia a véspera do día en que ía partir para a súa célebre e admirable campaña de 1814. Desde o segundo retorno dos Borbóns, Bartholoméo xa non levaba a condecoración da Lexión de Honor. Nunca ofreceu ningún home máis fermosa imaxe daqueles vellos republicanos, amigos incorruptibles do Imperio, que quedaban como os restos viventes dos dous gobernos máis enérxicos que o mundo teña coñecido. Se o barón de Piombo desagradaba a algúns cortesáns, tiña os Daru, os Drouot, os Carnot como amigos. En canto ó resto dos homes políticos, desde Waterloo, importábanlle tanto como o fume que saía do seu cigarro.

     Bartholoméo di Piombo adquirira, mediante a suma bastante módica que Madame, a nai do emperador, lle dera polas súas propiedades en Córsega, o antigo palacio de Portenduère, no cal non fixo ningún cambio. Case sempre aloxado á conta do goberno, só habitaba nesta casa desde a catástrofe de Fontainebleau. Seguindo o costume das xentes sinxelas e de alta virtude, o barón e a súa muller non se entregaban ó fasto exterior: os seus mobles proviñan do antigo mobiliario do palacio. Os grandes apousentos de altos teitos, sombríos e nus daquela vivenda, os anchos espellos enmarcados en vellas orlas douradas case negras e ese mobiliario do tempo de Luís XIV facían xogo con Bartholoméo e a súa muller, personaxes dignos da antigüidade. Baixo o Imperio e durante os Cen Días, exercendo funcións xenerosamente retribuídas, o vello corso vivira entre o luxo na súa casa, máis por lle facer honor ó seu posto que por desexo de brillar. A súa vida e a da súa muller eran tan frugais, tan tranquilas, que a modesta fortuna de que gozaban bastáballes para as súas necesidades. Para eles, a súa filla Ginevra valía por tódalas riquezas do mundo. Así, cando en maio de 1814 o barón Piombo deixou o seu posto, despediu os serventes e pechou a súa corte de cabalos, Ginevra, sinxela e sen fasto coma seus pais, non tivo ningún pesar: segundo o exemplo das grandes almas, poñía o seu luxo na forza dos sentimentos, como poñía a súa felicidade na soidade e no traballo. Ademais, aqueles tres seres amábanse demasiado como para que os signos exteriores da existencia tivesen algún prezo ante os seus ollos. A miúdo, e sobre todo despois da segunda e terrible caída de Napoleón, Bartholoméo e a súa muller pasaban seráns deliciosos escoitando a Ginevra toca-lo piano e cantar. Había, para eles, un segredo e inmenso pracer na presencia, na máis mínima palabra da súa filla, seguíana cos ollos cunha tenra inquietude, oían o seu paso no patio, por lixeiro que fose. Coma os amantes, podían permanecer horas enteiras os tres silenciosos, entendendo así mellor que coas palabras a elocuencia das súas almas. Ese profundo sentimento, a vida mesma dos dous anciáns, animaba tódolos seus pensamentos. Non eran tres existencias, senón unha soa, que, semellante á chama do fogar, se dividía en tres linguas de fogo. Se, por veces, a lembranza das boas accións e da desgracia de Napoleón, se a política do momento triunfaba sobre a constante solicitude dos dous vellos, podían falar diso sen rompe-la comunidade dos seus pensamentos: ¿non compartía Ginevra as súas paixóns políticas? ¿Hai algo máis natural có ardor co que se refuxiaban no corazón da súa única filla? Ata entón, as ocupacións da vida pública absorberan a enerxía do barón de Piombo; pero ó deixa-lo seu emprego, o corso necesitou bota-la súa enerxía no último sentimento que lle quedaba; ademais, a parte dos lazos que unen un pai e unha nai á súa filla, había quizá, sen que aquelas tres almas despóticas o soubesen, unha poderosa razón para o fanatismo da súa recíproca paixón: amábanse exclusivamente, o corazón todo enteiro de Ginevra pertencía a seu pai, como a ela o de Piombo; en fin, se é verdade que nos atamos os uns ós outros máis polos nosos defectos que polas nosas calidades, Ginevra respondía á perfección a tódalas paixóns de seu pai. De aí procedía a única imperfección daquela triple vida. Ginevra era implacable nas súas vontades, vindicativa, impulsiva como Bartholoméo o fora na súa mocidade. O corso compraceuse en desenvolver eses sentimentos salvaxes no corazón da súa filla, exactamente igual que un león lle aprende ás súas crías a lanzarse sobre a presa. Pero como esa aprendizaxe da vinganza dalgún xeito só se podía facer na casa paterna, Ginevra non lle perdoaba nada a seu pai, e el tiña que ceder. Piombo só vía infantilismo naquelas querelas ficticias; pero a nena contraeu o costume de dominar a seus pais. No medio desas tormentas que a Bartholoméo lle gustaba provocar, unha palabra de tenrura, unha ollada, abondaban para calma-las súas almas enfurecidas e nunca estaban tan preto dun bico coma cando se ameazaban. Con todo, desde había uns cinco anos, Ginevra, agora máis prudente ca seu pai, evitaba constantemente esa clase de escenas. A súa fidelidade, a entrega e o amor que triunfaba en tódolos seus pensamentos e o seu admirable sentido común acabaran coas súas cóleras; pero de aí saíra un mal maior: Ginevra vivía con seu pai e súa nai en pé dunha igualdade sempre funesta. Para remata-lo coñecemento de tódolos cambios xurdidos nestes tres personaxes desde a súa chegada a París, cómpre saber que Piombo e a súa muller, xente sen instrucción, deixaran que Ginevra estudiase conforme a súa fantasía. Segundo os seus caprichos de rapaciña, estudiara todo e abandonara todo, collendo e deixando cada pensamento alternativamente, ata que a pintura se converteu na súa paixón dominante; tería sido perfecta se súa nai fose quen de dirixi-los seus estudios, de aconsellala e de poñer en harmonía os dons da natureza: os seus defectos proviñan da funesta educación que o vello corso se compracera en darlle.

     Despois de facer sonar, un bo intre, as táboas do parqué, o vello tocou un timbre. Apareceu un criado.

     —Vaia ó encontro da señorita Ginevra –díxolle.

     —Sempre sentín non ter coche, por ela –observou a baronesa.

     —Ela non o quixo –respondeu Piombo, mirando para a súa muller que, acostumada desde había corenta anos ó seu rol de obediencia, baixou a vista.

     Xa septuaxenaria, alta, seca, pálida e engurrada, a baronesa era igualiña a esas vellas que Schnetz pon nas escenas italianas dos seus cadros de xénero; habitualmente estaba tan silenciosa, que parecía unha nova Madame Shandy; mais unha palabra, unha ollada, un xesto anunciaban que os seus sentimentos conservaran o vigor e a frescura da xuventude. O seu arranxo persoal, desprovisto de coquetería, carecía case sempre de gusto. Comunmente permanecía pasiva, afundida nunha butaca coma unha sultana Validé, esperando ou admirando á súa Ginevra, seu orgullo e súa vida. A beleza, os vestidos, a gracia da súa filla parecían tornarse dela. Todo estaba ben para ela cando Ginevra era feliz. Os seus cabelos branquearan e víanse algunhas guedellas sobre a fronte branca e engurrada ou ó longo das súas meixelas afundidas.

     —Hai uns quince días –dixo– que Ginevra regresa un pouco máis tarde.

     —Jean non ha ir bastante a présa –exclamou o impaciente vello, que cruzou os faldróns do traxe azul, agarrou o sombreiro, afundiuno na testa, colleu o bastón e saíu.

     —Non has ir lonxe –berroulle a súa muller.

     En efecto, a porta cocheira abrírase e pechárase e a anciá nai oía os pasos de Ginevra no patio. Bartholoméo reapareceu de pronto levando triunfante a filla que se debatía nos seus brazos.

     —¡Aquí está a Ginevra, a Ginevrettina, a Ginevrina, a Ginevrola, a Ginevretta, a Ginevra bela!

     —Pai, máncame.

     Axiña Ginevra foi pousada en terra cunha especie de respecto. Axitou a cabeza cun gracioso movemento para tranquilizar a súa nai que xa se asustaba e para lle dicir: é unha broma. O rostro apagado e pálido da baronesa recuperou entón a cor e unha especie de ledicia. Piombo refregou as mans cunha forza extrema, síntoma inequívoco de alegría; collera ese costume na Corte vendo a Napoleón encolerizarse cos xenerais ou cos ministros que o servían mal ou que cometeran algunha falta. Distendidos os músculos da súa cara, ata a máis mínima engurra da súa fronte expresaba benevolencia. Aqueles dous anciáns ofrecían nese momento a imaxe exacta desas plantas ás que un pouco de auga volve a vida tras unha longa seca.

     —¡Á mesa, á mesa! –berrou o barón, presentándolle a ancha man a Ginevra, á que lle chamou Signora Piombellina, outro síntoma de contento ó que a súa filla respondeu cun sorriso.

     —Ah, por certo –dixo Piombo, ó levantarse da mesa–, ¿sabes que túa nai me fixo observar que desde hai un mes quedas moito máis tempo que de costume no taller? Parece que a pintura che interesa máis ca nós.

     —¡Oh, pai!

     —Seguro que Ginevra nos prepara algunha sorpresa –dixo a nai.

     —¿Vasme traer un cadro teu? –preguntou o corso, petando nas mans.

     —Teño moito traballo no taller –respondeu ela.

     —¿Que che pasa Ginevra? ¡Puxécheste pálida! –dixo súa nai.

     —¡Non! –exclamou a rapaza, deixando escapar un xesto de resolución–, non, non se ha dicir que Ginevra Piombo mentiu unha soa vez na súa vida.

     Ó oír esta singular exclamación, Piombo e a súa muller miraron para a súa filla asombrados.

     —Quérolle a un mozo –engadiu ela con voz emocionada.

     Logo, sen atreverse a mirar para seus pais, baixou as anchas pálpebras, como para vela-lo lume dos seus ollos.

     —¿É un príncipe? –preguntou ironicamente seu pai, adoptando un ton de voz que fixo tremer á nai e á filla.

     —Non, pai –respondeu ela con modestia–, é un mozo sen fortuna...

     —¿Será, logo, ben fermoso?

     —É desgraciado.

     —¿Que fai?

     —Compañeiro de Labédoyère, estaba proscrito, sen asilo, Servin escondeuno, e...

     —Servin é un rapaz honrado que se comportou moi ben –exclamou Piombo–; pero vostede fai mal, miña filla, en amar máis home ca seu pai...

     —Non depende de min non amar –respondeu docemente Ginevra.

     —Eu gabábame –proseguiu seu pai– de que a miña Ginevra me había ser fiel ata a miña morte, que os meus coidados e os de súa nai serían os únicos que había recibir, que o noso cariño non atoparía na súa alma un cariño rival, e que...

     —¿Reprocheille eu a vostede o seu fanatismo por Napoleón? –dixo Ginevra–. ¿Vostede só me amou a min? ¿Non pasou meses enteiros de embaixada?¿Non soportei valentemente as súas ausencias? A vida ten necesidades que hai que saber soportar.

     —¡Ginevra!

     —Non, vostede non me ama por min, e os seus reproches amosan un egoísmo insoportable.

     —Acusas ó amor do teu pai –dixo Piombo, cos ollos en chamas.

     —Pai, eu non o acusarei xamais –respondeu Ginevra, con máis dozura da que esperaba a súa nai trémula–. Ten razón no seu egoísmo, como eu teño razón no meu amor. O ceo é testemuña de que nunca unha filla cumpriu mellor cos seus deberes para con seus pais. Só vin felicidade e amor alí onde outras ven obrigacións. Xa van quince anos que non me apartei de baixo da súa ala protectora, e foi un doce pracer para min alegrárlle-los seus días. Pero ¿sería unha desagradecida entregándome ó encanto de amar, desexando un esposo que me protexa despois de vostedes?

     —¡Ah! contas co teu pai, Ginevra –repuxo o vello, cun ton sinistro.

     Fíxose unha pausa terrible durante a cal ninguén ousou falar. Por fin Bartholoméo rompeu o silencio berrando cunha voz arrepiante:

     —¡Oh!, fica con nós, ¡ficaa xunto ó teu vello pai! Non podería verte amar a outro home. Ginevra, non terás que agardar moito pola liberdade...

     —¡Pero, pai, pense que nós non o abandonaremos, que seremos dous a amalo, que coñecerá o home ó coidado do cal me vai deixar! Será dúas veces amado, por min e por el: por el que é eu e por min que son todo el mesmo.

      —¡Oh, Ginevra! ¡Ginevra! –exclamou o corso apertando os puños–, ¿por que non casaches cando Napoleón me acostumara á idea, e che presentaba duques e condes?

     —Aqueles amábanme por obrigación –dixo a moza–. Ademais eu non quería separarme de vostedes e eles levaríanme consigo.

     —Non queres deixarnos sos –dixo Piombo; ¡pero casar é apartáreste de nós! Coñézote filla, non nos quererás máis. Elisa –engadiu, mirando á súa muller que permanecía inmóbil e como atordada–, xa non temos filla, quere casar.

     O ancián sentou, despois de alza-las mans ó aire en actitude de invocar a Deus; logo quedou curvado, como abatido pola dor. Ginevra viu  a axitación de seu pai, e a moderación da súa cólera partiulle o corazón; ela esperaba unha crise, furores, non preparara a súa alma contra a dozura paterna.

     —Pai –dixo, con voz conmovida–, non, nunca será abandonado pola súa Ginevra. Pero ámea un pouco por ela. ¡Se soubese como me ama el! ¡Ah!, ¡non sería el quen me causase pena!

     —As comparacións, xa –exclamou Piombo, cun acento terrible–. Non, non podo soportar esa idea –seguiu–. Se te amase como mereces ser amada, el mataríame a min; e se non te amase, apuñalaríao eu a el.

     As mans de Piombo tremían, os seus labios tremían, o seu corpo tremía e os seus ollos lanzaban lóstregos; só Ginevra podía soste-la súa mirada, pois entón ela acendía os ollos, como filla digna de seu pai.

    —¡Oh!, ¡amarte! ¿Quen é o home digno desta vida? –continuou el–. Amarte coma un pai, ¿non é xa vivir no paraíso?, ¿quen será xamais digno de ser o teu esposo?

     —El –dixo Ginevra–, el de quen eu me sinto indigna.

     —¿El? –repetiu maquinalmente Piombo–. ¿Que el?.

     —O que eu amo.

     —¿Pode coñecerte xa dabondo para adorarte?

     —Pero, pai –repuxo Ginevra, sentindo un movemento de impaciencia–, aínda que non me amase, posto que eu o amo...

     —¿Ai logo ámalo? –exclamou Piombo. Ginevra inclinou docemente a cabeza–. ¿Ámalo máis cá nós?

     —Eses dous sentimentos non se poden comparar –respondeu ela.

     —Un é máis forte có outro –repuxo Piombo.

     —Creo que si –dixo Ginevra.

     —Non casarás con el –berrou o corso, cunha voz que fixo resoa-los vidros do salón.

     —Casarei –replicou tranquilamente Ginevra.

     —¡Meu Deus!, ¡meu Deus! –exclamou a nai–, ¿cómo acabará esta querela? ¡Santa Virgina, intervide!

     O barón, que paseaba a grandes alancadas, foi sentar; unha severidade glacial ensombrecía o seu rostro, mirou fixamente á súa filla e díxolle cunha voz suave e debilitada:

     —¡Pois ben, Ginevra!, ¡non, non casarás! ¡Oh!, ¡non me digas que si esta noite!... Déixame cre-lo contrario. ¿Queres ve-lo teu pai de xeonllos e o seu cabelo branco prosternado ante ti? Vouche suplicar...

     —Ginevra Piombo non foi acostumada a prometer e a non cumprir –respondeu–. Son a súa filla.

     —Ten razón –dixo a baronesa–, nós fomos postas no mundo para casar.

     —Así que vostede alenta a súa desobediencia –díxolle o barón á súa muller que, impresionada por esta frase, tornouse estatua.

     —Rexeitar unha orde inxusta non é desobedecer –respondeu Ginevra.

     —¡Non pode ser inxusta cando emana da boca de seu pai, miña filla! ¿Por que me xulga? A repugnancia que sinto, ¿non é un consello das alturas? Se cadra presérvoa dunha desgracia.

     —A desgracia sería que el non me quixese.

     —¡Outra vez el!

     —Si, outra vez –repuxo ela–. El é a miña vida, o meu ben, o meu pensamento. Mesmo obedecéndoo a vostede, el estaría sempre no meu corazón. Prohibirme que case con el, ¿non é obrigarme a odialo a vostede?

     —Ti xa non nos queres –exclamou Piombo.

     —¡Oh! –dixo Ginevra, abaneando a cabeza.

     —Pois esquéceo, senos fiel. Despois de nós... xa entendes.

     —Pai, ¿quéreme facer desexa-la súa morte? –preguntou Ginevra.

     —¡Hei vivir máis ca ti! Os fillos que non honran ós seus pais morren cedo –exclamou seu pai, no máis alto grao de desesperación.

     —¡Razón de máis para casar axiña e ser feliz! –exclamou ela.

     Ese sangue frío, ese poder de razoamento acabaron de turbar a Piombo, o sangue subiulle violentamente á cabeza, a cara tornóuselle púrpura. Ginevra estremeceu, lanzouse coma un paxaro ós xeonllos de seu pai, pasoulle os brazos arredor do colo, acaricioulle os cabelos e exclamou entenrecida:

     —¡Oh, si!, ¡que eu morra antes! ¡Non podería sobrevivir despois de ti, pai, querido pai!

     —¡Oh, miña Ginevra!, miña tola Ginevra –respondeu Piombo, a cólera do cal se fundira con aquela caricia coma o xeo cos raios do sol.

     —Xa era hora de que terminasedes –dixo a baronesa, con voz emocionada.

     —¡Pobre nai!

     —¡Ah, Ginevretta!, ¡miña Ginevra bela!

     E o pai xogaba coa filla coma cunha nena de seis anos, entretíñase en lle desface-las trenzas ondeantes, en facela saltar; había algo de loucura nas súas expresións de cariño. Axiña lle rifou a filla bicando nel e intentou conseguir, entre bromas, a entrada de Luís na vivenda; pero, entre bromas tamén, o pai negouse. Ela enfadouse, regresou, volveuse enfadar; despois, ó final da noite, encontrouse contenta de ter gravado no corazón do pai o seu amor por Luís e a idea dun próximo casamento. Ó día seguinte non falou máis do seu amor, foi máis tarde ó taller e regresou cedo; estivo máis cariñosa con seu pai do que o estivera nunca, mostrouse chea de gratitude, como para lle agradece-lo consentimento que parecía dar ó matrimonio co seu silencio. Polas noites tocaba música durante longo tempo e, a miúdo, exclamaba:

     —¡Cumpría unha voz de home para este nocturno! 

     Era italiana, está todo dito. Ó cabo de oito días, súa nai fíxolle un aceno, acudiu onda ela, despois díxolle ó oído en baixo:

     —Convencín o teu pai de que o reciba.

     —¡Oh, nai!, ¡que feliz me fai!

     Aquel día Ginevra tivo, pois, a felicidade de volver ó palacio de seu pai do brazo de Luís. Por segunda vez, o pobre oficial saía do seu escondedoiro. As activas demandas que Ginevra lle facía ó duque de Feltre, entón ministro da Guerra, foran coroadas por un pleno éxito. Luís acababa de ser reintegrado baixo control de oficiais en dispoñibilidade. Era un gran paso cara a un futuro mellor. Instruído pola súa amiga sobre as dificultades que o agardaban xunto do barón, o xuvenil xefe de batallón non se atrevía a confesa-lo temor que tiña de non lle gustar. Aquel home tan valoroso contra a adversidade, tan bravo no campo de batalla, tremía só de pensar na súa entrada no salón dos Piombo. Ginevra sentiuno estremecer e, esa emoción, da que era principio a súa felicidade, foi para ela unha nova proba de amor.

     —¡Que pálido está! –díxolle cando chegaron á porta do palacio.

     —¡Oh, Ginevra!, ¡se só se tratase da miña vida!

     Bartholoméo, se ben fora avisado pola súa muller da presentación oficial daquel que Ginevra amaba, non saíu ó seu encontro, permaneceu na butaca onde adoitaba sentar, e a severidade da súa fronte foi glacial.

     —Pai –dixo Ginevra–, tráiolle unha persoa que é seguro que lle gustará ver: o señor Luís, un soldado que combateu a catro pasos do emperador en Mont-Saint-Jean...

     O barón de Piombo ergueuse, botoulle unha ollada furtiva a Luís e dixo cunha voz sardónica:

     —¿O señor non ten condecoracións?

     —Xa non levo a Lexión de Honor –respondeu timidamente Luís, que permanecía humildemente de pé.

     Ginevra, doída pola descortesía de seu pai, achegou unha cadeira. A resposta do oficial satisfixo ó vello servidor de Napoleón. A señora Piombo, reparando en que as cellas do seu home volvían á súa posición natural, dixo para anima-la conversación:

     —O parecido do señor con Nina Porta é pasmoso. ¿Non lles parece que o señor ten toda a fisionomía dos Porta?

     —Nada máis natural –respondeu o mozo, sobre o cal se detiveron os ollos flamexantes de Piombo–, Nina era a miña irmá...

     —¿Ti es Luigi Porta? –preguntou o ancián.

     —Son.

     Bartholoméo Piombo levantouse, cambaleou, tivo que se apoiar nunha cadeira e ollou para a súa muller. Elisa Piombo acudiu onda el; despois, os dous vellos, silenciosos, collidos do brazo saíron do salón abandonando a súa filla cunha especie de horror. Luigi Porta, estupefacto, mirou para Ginevra que se tornou tan branca coma unha estatua de mármore e permaneceu cos ollos fixos na porta pola que desapareceran seu pai e súa mai: aquel silencio e aquela retirada producíronse con tal solemnidade que, por primeira vez, quizá, o sentimento do medo entrou no seu corazón. Xuntou as mans, unha contra a outra, con forza, e dixo, cunha voz tan conmocionada que só podía ser oída por un amante:

     —¡Canta desgracia nunha palabra!

     —En nome do noso amor, ¿que é logo o que dixen? –preguntou Luigi Porta.

     —O meu pai –respondeu ela– nunca me falou da nosa deplorable historia e eu era demasiado nova cando me fun de Córsega para sabela.

     —¿Estariamos en vendetta? –preguntou Luigi, tremendo.

     —Si. Preguntándolle a miña mai, souben que os Porta mataran ós meus irmáns e queimaran a nosa casa. Meu pai asasinou a toda a súa familia. ¿Como sobreviviu vostede a quen el pensaba que atara ás columnas dun leito antes de lle prender lume á casa?

     —Non o sei –respondeu Luigi–. Ós seis anos leváronme a Xénova, á casa dun vello chamado Colonna. Non me deron ningún detalle sobre a miña familia. Só sabía que era orfo e sen fortuna. Ese Colonna foi un pai para min e levei o seu apelido ata o día en que entrei no servicio. Como necesitei os papeis para probar quen era, o vello Colonna díxome entón que eu, débil e aínda neno, tiña inimigos. Aconselloume que adoptase só o nome de Luigi, para escapar deles.

     —Marche, marche, Luigi –exclamou Ginevra–; mais non, teño que acompañalo. Mentres estea na casa do meu pai non ten nada que temer; en canto saia, ¡teña moito coidado! Irá de perigo en perigo. Meu pai ten dous corsos ó seu servicio, e se non é el o que ameaza os seus días, serán eles.

     —Ginevra –dixo el–, ¿este odio existirá logo entre nólos dous?

     A moza sorriu tristemente e baixou a cabeza. Alzouna pronto cunha especie de orgullo e dixo:

     —¡Oh, Luigi!, cómpre que os nosos sentimentos sexan ben puros e ben sinceros para que eu teña a forza de andar polo camiño no que vou entrar. Pero, trátase dunha felicidade que debe durar toda a vida ¿non é?

     Luigi respondeu cun sorriso e apertou a man de Ginevra. A rapaza comprendeu que só un verdadeiro amor podía desdeñar naquel momento as protestas vulgares. A expresión tranquila e concienciuda dos sentimentos de Luigi anunciaba, dalgún xeito, a súa forza e a súa duración. O destino deses dous esposos cumpriuse entón. Ginevra entreviu crueis combates que manter, pero a idea de abandonar a Luís, idea que quizá pasara un momento pola súa alma, esvaeceu por completo. Por sempre súa, arrastrouno cunha sorte de enerxía fóra do palacio e só se separou del no momento en que alcanzou a casa na que Servin lle alugara unha modesta vivenda. Cando regresou á residencia de seu pai, adoptara esa especie de serenidade que dá unha forte resolución: ningunha alteración nos seus modais mostrou inquietude. Alzou cara a seu pai e súa nai, que atopou dispostos a poñerse á mesa, uns ollos desprovistos de insolencia e cheos de dozura; viu que a súa anciá nai chorara, a roibén daquelas pálpebras murchas conmoveulle por un momento o corazón; pero ocultou a súa emoción. Piombo semellaba ser presa dunha dor demasiado violenta, demasiado concentrada para que a puidese revelar con expresións ordinarias. Os criados serviron unha cea que ninguén tocou. O horror pola comida é un dos síntomas que mostra as grandes crises da alma. Levantáronse os tres sen que ningún deles se dirixise a palabra. Cando Ginevra estivo entre seu pai e súa nai no gran salón sombrío e solemne, Piombo quixo falar, pero non atopou a voz; intentou andar e non atopou a forza, volveu sentar e chamou.

     —Pietro –díxolle en fin ó criado–, acenda o lume, teño frío.

     Ginevra estremeceuse e mirou para seu pai con ansiedade. O combate que se libraba nel debía ser horrible, a súa cara estaba trastornada. Ginevra coñecía o alcance do perigo que a ameazaba, pero non tremía; mentres que as olladas furtivas que Bartholoméo botaba sobre a súa filla parecían anunciar que lle temía, nese momento, a aquel carácter do que a violencia era obra súa. Entre eles todo tiña que ser descomedido. E a certeza do cambio que se podía operar nos sentimentos do pai e mais da filla animaba o rostro da baronesa cunha expresión de terror.

     —Ginevra, vostede ama o inimigo da nosa familia –dixo por fin Piombo, sen atreverse a mirar á súa filla.

     —Iso é verdade –respondeu ela.

    —Hai que escoller entre el ou nós. A nosa vendetta forma parte de nós mesmos. O que non abraza a miña vinganza non é da miña familia.

     —A miña escolla está feita –respondeu Ginevra, con voz tranquila.

     A calma da súa filla enganou a Bartholoméo.

     —¡Oh, miña filla querida! –exclamou o vello, que mostraba as pálpebras humedecidas polas bágoas, as primeiras e as únicas que verteu na vida.

     —Serei a súa muller –dixo bruscamente Ginevra.

     Bartholoméo tivo como un desmaio; pero recuperou o seu sangue frío e replicou:

     —Ese matrimonio non se levará a cabo, mentres eu viva, xamais consentirei. –Ginevra gardou silencio–. Pero –continuou o barón–, ¿pensaches en que Luigi é fillo de quen matou os teus irmáns?

     —El tiña seis anos no momento en que se cometeu o crime, debe ser inocente –respondeu ela.

     —¿Un Porta? –exclamou Bartholoméo.

     —Pero, ¿compartín eu xamais ese odio? –dixo vivamente a moza–. ¿Educáronme na crenza de que un Porta era un monstro? ¿Podía eu pensar que quedase un só dos que mataran? ¿Non é natural que vostedes fagan que ceda a súa vendetta ante os meus sentimentos?

     —¿Un Porta? –dixo Piombo–. Se seu pai te tivese atopado noutrora na cama, non vivirías, teríache dado cen veces morte.

     —Poida que si –respondeu ela–, pero o seu fillo deume máis cá vida. Ver a Luigi é unha felicidade sen a que eu non sabería vivir. Luigi reveloume o mundo dos sentimentos. Quizá teña visto caras aínda máis fermosas cá súa, pero ningunha me foi tan grata , quizá teña oído voces... non, non, nunca máis melodiosas. Luigi ámame, será o meu home.

     —Xamais –dixo Piombo–. Preferiría verte no cadaleito, Ginevra.

     O vello corso levantouse, púxose a percorrer a grandes alancadas o salón e deixou escapar estas palabras, despois dunhas pausas nas que se pintaba toda a súa axitación:

     —¿Vostede pensa, se cadra, que vai dobrega-la miña vontade? Desengánese: non quero que un Porta sexa o meu xenro. Tal é a miña sentencia. Que non se fale máis disto entre nós. Eu son Bartholoméo di Piombo, ¿entende Ginevra?

     —¿Atribúe vostede algún sentido misterioso a esas palabras? –preguntou ela friamente.

    —Significan que teño un puñal e que non lle temo á xustiza dos homes. Nosoutros, os corsos, ímonos explicar con Deus.

     —¡Pois ben! –dixo a moza, poñéndose en pé–, eu son Ginevra di Piombo, e declaro que dentro de seis meses serei a muller de Luigi Porta. Vostede é un tirano, pai –engadiu, despois dunha pausa aterradora.

     Bartholoméo apertou os puños e petou no mármore da cheminea:

     —¡Ah!, estamos en París –murmurou.

     Calou, cruzou os brazos, inclinou a cabeza sobre o peito e non pronunciou nin unha palabra máis en toda a noite. Tras expresa-la súa vontade, a rapaza afectou un sangue frío incrible; púxose ó piano, cantou, tocou melodías encantadoras cunha gracia e cun sentimento que anunciaban unha perfecta liberdade de espírito, triunfando así sobre o seu pai do que a fronte non parecía serenarse. O ancián sentiu cruelmente aquela tácita inxuria e recolleu naquel momento un dos froitos amargos da educación que lle dera á súa filla. O respecto é unha barreira que protexe tanto a un pai e unha nai coma ós fillos, evitándolles a aqueles penas, a estes remordementos. Ó día seguinte, Ginevra, que quixo saír á hora en que adoitaba acudir ó taller, atopou a porta do palacio pechada para ela; pero axiña inventou un modo de instruír a Luigi Porta sobre as severidades paternas. Unha doncela que non sabía ler fíxolle chegar ó mozo oficial a carta que lle escribiu Ginevra. Durante cinco días os dous amantes puideron escribirse, gracias ás argucias que sempre se saben maquinar ós vinte anos. O pai e a filla faláronse raramente. Os dous gardaban no fondo do corazón un principio de odio, sufrían, pero orgullosamente e en silencio. Recoñecendo que fortes eran os lazos de cariño que os ataban o un ó outro, intentaban rompelos sen poder conseguilo. Ningún doce pensamento viña, como antes, anima-los riscos severos de Bartholoméo cando contemplaba a súa Ginevra. A rapaza tiña algo de feroz cando ollaba para seu pai e o reproche presidía a súa fronte inocente; entregábase a felices pensamentos, pero por veces os remorsos parecían ensombrecerlle os ollos. Mesmo non era difícil adiviñar que nunca podería gozar tranquilamente dunha felicidade que facía a desgracia dos pais. En Bartholoméo, como na súa filla, tódalas irresolucións causadas pola bondade natural da súas almas debían, sen embargo, fracasar ante o seu orgullo, ante o especial rancor dos corsos. Animábanse un ó outro na súa cólera e pechaban os ollos ó futuro. Quizá tamén se gababan mutuamente de que un cedería ó outro.

     O día do aniversario de Ginevra, a súa nai, desesperada por aquela desunión que tomaba un carácter grave, meditou en cómo reconcilia-lo pai e a filla, coas lembranzas daquel aniversario. Estaban reunidos os tres no cuarto de Bartholoméo. Ginevra adiviñou as intencións da nai na dúbida que se amosaba na súa cara e sorriu tristemente. Nese momento, un criado anunciou a dous notarios que entraron acompañados de varias testemuñas. Bartholoméo fitou aqueles homes, as caras dos cales friamente compasadas tiñan algo ferinte para almas tan apaixonadas como o eran as dos tres principais actores desta escena. O ancián volveuse cara á súa filla cun aire inquieto, viu na súa cara un sorriso de triunfo que lle fixo sospeitar algunha catástrofe; pero finxiu, ó xeito dos salvaxes, conservar unha inmobilidade mentireira mirando para os dous notarios cunha especie de curiosidade tranquila. Os forasteiros sentaron despois de seren invitados a isto por un aceno do vello.

     —O señor é, sen dúbida, o señor barón de Piombo –preguntou o máis vello dos notarios.

     Bartholoméo inclinouse. O notario moveu lixeiramente a cabeza, mirou á moza coa expresión raposeira dun garda de comercio que sorprende a un debedor, e sacou a tabaqueira, abriuna, colleu un chisco de tabaco, púxose a aspiralo a pouquiños buscando as primeiras frases do seu discurso; despois, pronunciándoas, fixo continuas pausas (manobra oratoria que este signo representará de xeito moi imperfecto).

     —Señor –dixo–, eu son o señor Roguin, notario da señorita, súa filla, e vimos - o meu colega e mais eu - para cumpri-lo desexo da lei e - poñer termo ás divisións que - semellarían - terse introducido - entre vostede e a señorita, súa filla, - con respecto - ó - seu - matrimonio co señor Luigi Porta.

     Estas frases, pronunciadas con bastante pedantería, parecéronlle probablemente demasiado fermosas ó notario Roguin para que se puidesen comprender dunha soa vez, parou ollando para Bartholoméo coa expresión especial dos homes de negocios, entre o servilismo e a familiaridade. Habituados a finxir moito interese polas persoas coas que falan, as caras dos notarios acaban por contraer un xesto que poñen e quitan coma o seu pallium oficial. Esa máscara de benevolencia, da que o mecanismo é tan doado de dominar, irritou de tal xeito a Bartholoméo que tivo que recorrer a toda a súa razón para non guindar ó señor Roguin polas ventás; unha expresión de ira esvaroulle polas súas engurras e, ó vela, o notario pensou:  “deixeino impresionado”.

     —Pero, señor barón –continuou con voz melosa–, nestas ocasións, o noso ministerio comeza sempre por ser esencialmente conciliador. - Teña, logo, a bondade de escoitarme. - É evidente que a señorita Ginevra Piombo - alcanza hoxe mesmo - a idade na que abonda con facer unhas actas respectuosas para que se poida proceder á celebración dun matrimonio - malia a falla de consentimento paterno. Agora ben, - é costume nas familias - que gozan dunha certa consideración, - que pertencen á boa sociedade, - que conservan algunha dignidade, - ás que lles importa, en fin, non revelar ó público o segredo das súas divisións, - e que, por outra banda, non se queren prexudicar elas mesmas marcando coa reprobación o futuro dos dous novos esposos ( pois - ¡é prexudicarse a si mesmo!) - é costume, - dicía eu, - entre estas familias honorables - non deixar subsistir semellantes actas, - que permanecen, que - son monumentos dunha división que - remata - por cesar. - Desde o momento, señor, en que unha persoa nova recorre ás actas respectuosas, anuncia unha intención demasiado decidida para que un pai e - unha nai, –engadiu volvéndose cara á baronesa–, poidan esperar verlle segui-las súas opinións. - Sendo a resistencia paterna entón nula - por este feito - primeiro, - e logo estando invalidada pola lei, é frecuente que todo home prudente, despois de lle facer unha última advertencia ó seu fillo, lle dea a liberdade de...

     O señor Roguin detívose, caendo na conta de que podía falar así dúas horas sen obter resposta e ademais experimentou unha conmoción especial ante o aspecto do home que intentaba converter. Producírase unha revolución extraordinaria no rostro de Bartholoméo: tódalas engurras contraídas dábanlle un aire de crueldade indefinible, e fixaba sobre o notario unha ollada de tigre. A baronesa permanecía muda e pasiva. Ginevra, tranquila e resolta, agardaba, sabía que a voz do notario era máis potente cá súa, así que parecía decidida a gardar silencio. No momento en que Roguin calou, esta escena volveuse tan aterradora que as testemuñas estrañas se asustaron; quizá xamais os sorprendera un silencio semellante. Os notarios consultáronse coa ollada, levantáronse e foron xuntos á ventá.

     —¿Algunha vez atopaches uns clientes coma estes? –preguntoulle Roguin ó seu colega.

     —Non imos sacar nada deles –respondeu o máis novo–. No teu lugar eu limitaríame á lectura da acta. O vello non me parece nada gracioso, está furioso, e non vas gañar nada a discutir con el...

     O señor Roguin leu un papel timbrado que contiña unha acta de denuncia redactada de antemán e preguntoulle friamente a Bartholoméo cal era e súa resposta.

     —¿E logo en Francia hai leis que destrúen o poder paterno? –preguntou o corso.

     —Señor... –dixo Roguin, coa súa voz meliflua.

     —¿Que lle arrebatan unha filla ó seu pai?

     —Señor...

     —¿Que privan a un ancián do seu derradeiro consolo?

     —Señor, a súa filla non lle pertence máis que...

     —¿Que o matan?

     —Señor, ¿permite?

     Nada hai máis horroroso có sangue frío e os razoamentos exactos dun notario no medio das escenas apaixonadas nas que adoitan intervir. As caras que Piombo vía parecéronlle escapadas do inferno, a súa carraxe fría e concentrada non coñeceu límites no momento en que a voz tranquila e case afrautada do seu pequeno antagonista pronunciou ese fatal “¿Permite0?”. Chimpou cara a un longo puñal colgado dun cravo por riba da cheminea e lanzouse sobre a súa filla. O máis novo dos dous notarios e mais unha das testemuñas interpuxéronse entre el e Ginevra; pero Bartholoméo arrolou brutalmente os dous conciliadores amosándolles un rostro de lume e uns ollos flamexantes que parecían máis terribles có brillo do puñal. Cando Ginevra se viu en presencia de seu pai, mirouno fixamente cun aire de triunfo, avanzou lentamente cara a el e axeonllouse.

     —¡Non!, ¡non!, non podo –dixo el, tirando tan violentamente coa arma que se foi cravar nas madeiras da parede.

     —¡Ai!, ¡piedade!, ¡piedade! –dixo ela–. Vostede dubida en darme a morte, e négame a vida. ¡Oh, pai!, nunca o amei tanto, ¡concédame a Luigi! Pídolle o seu consentimento de xeonllos: unha filla pódese humillar diante do seu pai; o meu Luigi ou morro.

     A violenta irritación que a sufocaba impediulle continuar, quedou sen voz; os seus esforzos convulsivos mostraban ás claras que estaba entre a vida e a morte. Bartholoméo rexeitou duramente á súa filla.

     —Fuxe –dixo–. A muller de Luigi Porta non pode ser unha Piombo. ¡Xa non teño filla! Non teño forza para te maldicir; pero abandónote, ti xa non tes pai. A miña Ginevra Piombo está enterrada aquí –exclamou cun profundo ton de voz, apertando fortemente o corazón–. Sae, logo, desgraciada –engadiu, despois dun momento de silencio–, sae, e non te volvas poñer nunca diante de min.

     Logo, colleu a Ginevra por un brazo e conduciuna silenciosamente fóra da casa.

    

     —Luigi –exclamou Ginevra ó entrar na modesta vivenda onde residía o oficial–, meu Luigi, non temos máis fortuna có noso amor.

     —Somos máis ricos ca tódolos reis da terra –respondeu el.

     —Meu pai e miña mai abandonáronme –dixo ela, cunha fonda melancolía.

     —Eu heite amar por eles.

     —¿Seremos moi felices? –exclamou ela cunha ledicia que tivo algo de estarrecedor.

     —E sempre –respondeu el, apertándoa contra o seu corazón.

 

          Un día, despois de abandona-la casa de seu pai, Ginevra foille pedir á señora Servin que lle concedese asilo e protección ata a época fixada pola lei para o seu matrimonio con Luigi Porta. Aí comezou para ela a aprendizaxe das penas que o mundo sementa arredor dos que non seguen os seus usos. Moi atribulada polo dano que a aventura de Ginevra lle facía ó seu home, a señora Servin recibiu friamente á fuxitiva, e fíxolle saber con palabras cortesmente circunspectas que non debía contar co seu apoio. Demasiado orgullosa para insistir, pero abraiada por un egoísmo ó que non estaba habituada, a moza corsa foise aloxar ó hotel máis próximo á casa onde habitaba Luigi. O fillo dos Porta foi pasar tódolos días ós pés da súa futura muller; o seu amor mozo e a pureza das súas palabras disipaban as nubes que a reprobación paterna amoreaba sobre a fronte da filla desterrada e pintáballe un porvir tan fermoso que ela acababa por sorrir, sen por iso esquece-lo rigor dos seus pais.

     Unha mañá, a criada do hotel entregoulle a Ginevra varios baúis que contiñan teas, roupa branca e unha chea de cousas necesarias para unha muller nova que vai poñer casa; recoñeceu naquel envío a previsora bondade dunha nai, pois entre aqueles presentes atopou unha bolsa na que a baronesa metera a suma que lle pertencía á súa filla engadindo o froito das súas economías. O diñeiro ía acompañado dunha carta na que a nai conxuraba a filla a que abandonase o seu funesto proxecto de voda, se aínda era tempo; tivera que adoptar, dicía, precaucións inauditas para lle facer chegar aqueles pobres recursos a Ginevra; suplicáballe que non a acusase de dureza, se desde agora a deixaba no abandono, temía non poder asistila máis, bendicíaa, desexáballe que encontrase a felicidade naquel fatal matrimonio, caso de persistir, asegurándolle que ela non pensaba máis que na súa filla querida. Neste lugar, unhas bágoas borraran varias palabras da carta.

     —¡Oh, ai! –exclamou Ginevra, toda conmovida.

     Sentía a necesidade de botarse de xeonllos ante ela, de vela e de respira-lo aire benéfico da casa paterna; xa ía saír cando entrou Luigi; mirouno e esvaeceu a súa tenrura filial, secáronselle as bágoas, e non tivo forza para abandonar aquel rapaz tan desgraciado e tan amante. Se-la única esperanza dunha nobre criatura, amala e abandonala... ese sacrificio é unha traizón da que son incapaces as almas mozas. Ginevra tivo a xenerosidade de enterra-la súa dor no fondo da alma.

     Por fin chegou o día do casamento. Ginevra non tiña a ninguén xunto a si. Luigi aproveitara o momento en que ela se vestía para ir busca-las testemuñas necesarias para a sinatura da súa acta de matrimonio. Aquelas testemuñas eran boa xente. Un, antigo sarxento de cabalería de húsares, contraera no exército, con Luigi, algunhas desas obrigacións que non se borran nunca do corazón dun home honrado; agora tiña un negocio de coches de alugueiro, dos que posuía varios. O outro, contratista de albanelería, era propietario da casa na que os novos esposos debían residir. Cada un deles ía acompañado dun amigo. Logo, os catro foron con Luigi a recolle-la noiva. Pouco acostumados ós actos sociais, e vendo algo moi simple no favor que lle facían a Luigi, aquela xente vestírase aseadamente pero sen luxo, e nada anunciaba o ledo cortexo dunha voda. A mesma Ginevra ataviouse moi sinxelamente co fin de conformarse á súa fortuna; con todo, a súa beleza tiña algo tan nobre e tan impoñente que, ante o seu aspecto, a palabra expirou nos labios das testemuñas que se sentiron obrigados a lle dirixir algún cumprido; saudárona con respecto, ela inclinouse; mirárona en silencio, e non puideron facer máis que admirala. Esa reserva estableceu unha frialdade entre eles. A ledicia só pode estouparse entre xentes que se senten iguais. O azar quixo así que todo fose sombrío e grave arredor dos noivos, nada reflectiu a súa felicidade. A igrexa e mailo concello non estaban moi afastadas do hotel.  Os dous corsos, seguidos das catro testemuñas que lles impoñía a lei, quixeron ir a pé, cunha simplicidade que despoxou de todo aparato esa gran representación da vida social. No patio do concello atoparon unha morea de coches que anunciaban unha numerosa compaña, subiron e chegaron a unha gran sala na que os noivos, dos que a felicidade estaba indicada para aquel día, esperaban con bastante impaciencia ó alcalde do distrito. Ginevra sentou preto de Luigi ó final dun gran banco e as testemuñas quedaron de pé, por falta de asentos. Dúas noivas pomposamente vestidas de branco, cargadas de fitas, de encaixes, de perlas e coroadas con ramos de azar, cos botóns satinados a tremeren baixo dos veos, estaban rodeadas das súas alegres familias e acompañadas de súas nais, ás que que miraban cun aire á vez satisfeito e temeroso; tódolos ollos reflectían a felicidade e cada cara parecía prodigarlles bendicións. Os pais, as testemuñas, os irmáns e as irmás ían e viñan coma un enxamio xogando nun raio de sol que está a piques de desaparecer. Todos parecían comprende-lo valor daquel momento fuxitivo da vida no que o corazón se atopa entre dúas esperanzas: os desexos do pasado, as promesas do futuro. Ante ese espectáculo, Ginevra sentiu dilatarse o seu corazón e apertou o brazo de Luigi que lle botou unha ollada. Unha lágrima rodou dos ollos do mozo corso, nunca comprendeu mellor que naquel momento todo o que a súa Ginevra lle sacrificaba. Esa lágrima preciosa fíxolle esquecer á moza o abandono no que se atopaba. O amor verteu tesouros de luz entre os dous amantes que só se viron a si mesmos no medio daquel tumulto: estaban alí, sos, entre aquela multitude, igual que ían estar na vida. As súas testemuñas, indiferentes á cerimonia, parolaban tranquilamente dos seus asuntos.

     —A avea está ben cara –dicíalle o sarxento de cabalería ó albanel.

     —Aínda non encareceu tanto coma o xeso, en proporción –respondeu o contratista.

     E deron unha volta pola sala.

     —¡Canto tempo perde un aquí! –exclamou o albanel, volvendo meter no peto un groso reloxo de prata.

     Luigi e Ginevra, apertados un contra o outro, semellaban unha soa persoa. Certamente, un poeta admiraría aquelas dúas cabezas unidas por un mesmo sentimento, igualmente coloreadas, melancólicas e silenciosas en presencia das dúas vodas zoando, ante catro familias buliciosas que refulxían de diamantes, de flores, tendo a súa ledicia algo de pasaxeiro. Todo o que aqueles grupos espléndidos presentaban de alegría externa, Luigi e Ginevra enterrábano no fondo dos seus corazóns. Por un lado, o groseiro estrépito do pracer; polo outro, o delicado silencio das almas gozosas: a terra e o ceo. Pero a trémula Ginevra non soubo despoxarse enteiramente das debilidades da muller. Supersticiosa coma unha italiana, quixo ver un presaxio neste contraste e gardou no máis fondo do seu corazón un sentimento de pánico, invencible igual có seu amor. De súpeto, un mozo do despacho coa librea da cidade abriu unha porta de dous batentes, fíxose o silencio e a súa voz resoou coma un chío chamando ó señor Luigi da Porta e á señorita Ginevra di Piombo. Ese momento causoulles algún embarazo ós dous prometidos. A celebridade do apelido de Piombo atraeu a atención, os espectadores buscaron unha voda que parecía ter que ser suntuosa. Ginevra levantouse, as súas fulminantes miradas de orgullo impresionaron a toda a multitude, deulle o brazo a Luigi e andou con paso firme seguida das súas testemuñas. Un murmurio de asombro que foi medrando, un moumeo xeral veulle recordar a Ginevra que o mundo lle pedía contas pola ausencia de seus pais: a maldición paterna semellaba perseguila.

     —Agarde polas familias –díxolle o alcalde ó empregado que lía veloz as actas.

     —O pai e a nai protestan –respondeu flegmático o secretario.

     —¿Das dúas partes? –preguntou o alcalde.

     —O esposo é orfo.

     —¿Onde están as testemuñas?

     —Aquí –respondeu de novo o secretario mostrando os catro homes inmóbiles e mudos que, cos brazos cruzados, semellaban estatuas.

     —Pero, ¿se hai protesta? –dixo o alcalde.

     — Foron feitas as actas respectuosas legalmente –replicou o empregado erguéndose para transmitirlle ó funcionario as pezas adxuntas á acta de matrimonio.

     Ese debate burocrático tivo algo de infamante e contiña en poucas palabras toda unha historia. O odio dos Porta e dos Piombo, terribles paixóns foron inscritas nunha páxina do rexistro civil, igual que sobre a lousa dunha tumba se gravan nunhas liñas os anais dun pobo, e ás veces mesmo nunha soa palabra: Robespierre ou Napoleón. Ginevra tremía. Igual cá pomba que atravesando os mares só tiña a arca para pousar, ela non podía refuxia-la súa mirada máis que nos ollos de Luigi, pois todo era triste e frío arredor dela. O alcalde amosaba un aspecto réprobo e severo, e o empregado miraba para os dous esposos cunha curiosidade malévola. Nada tivo nunca menos aparencia de festa. Coma tódalas cousas da vida humana cando son despoxadas dos seus accesorios, foi un acto simple en si mesmo, inmenso polo pensamento. Despois dalgunhas preguntas ás que responderon os esposos, despois dalgunhas palabras murmuradas polo alcalde e despois de estamparen as súas sinaturas no rexistro, Luigi e Ginevra quedaron unidos. Os dous mozos corsos, a alianza dos cales ofrecía toda a poesía consagrada polo xenio na de Romeo e Xulieta, cruzaron dúas fileiras de parentes alegres que non lles pertencían e que case se impacientaban polo atraso que lles causaba aquel casamento tan triste en aparencia. Cando a moza se atopou no patio do concello e baixo o ceo, un suspiro escapou do seu peito.

     —¡Oh! ¿Abondará toda unha vida de coidados e de amor para recoñece-lo valor e a tenrura da miña Ginevra? –dixo Luigi.

     Ante estas palabras, acompañadas de lágrimas de felicidade, a noiva esqueceu tódolos seus sufrimentos; pois sufrira por presentarse ante o mundo, reclamando unha felicidade que a súa familia se negaba a aprobar.

     —¿Por que se meten os homes entre nós? –dixo ela cunha inxenuidade de sentimento que encantou a Luigi.

     O pracer tornou os esposos máis lixeiros. Non viron nin ceo, nin terra, nin casas e voaron á igrexa coma se tivesen ás. En fin, chegaron a unha pequena capela escura e ante un altar sen pompa onde un vello cura celebrou a súa unión. Alí, coma no concello, foron rodeados polas dúas vodas que os perseguían co seu brillo. A igrexa chea de amigos e de parentes, retumbaba co ruído que facían as carrozas, os maceiros, os suízos, os sacerdotes. Algúns altares brillaban con todo o luxo eclesiástico, as coroas de azar que adornaban as estatuas da Virxe parecían ser novas. Só se vían flores, perfumes, cirios resplandecentes, coxíns de veludo bordados en ouro. Deus semellaba ser cómplice daquela ledicia dun día. Cando houbo que soster, por riba das cabezas de Luigi e de Ginevra, ese símbolo de unión eterna, ese xugo de seda branca, suave, brillante, lixeiro para uns e de chumbo para a maioría, o cura buscou en van ós nenos que desempeñan este gozoso oficio: dúas das testemuñas substituíronos. O eclesiástico deulles ós esposos a présa unhas instruccións sobre os perigos da vida, sobre os deberes que lles habían ensinar un día ós seus fillos; e, a propósito disto, deixou escorregar un reproche indirecto sobre a ausencia dos pais de Ginevra; a continuación, despois de unilos ante Deus, como o alcalde os unira ante a lei, rematou a misa e foise.

     —¡Que Deus os bendiga! –díxolle Vergniaud ó albanel baixo o soportal da igrexa–. Nunca houbo dúas criaturas máis feitas unha para a outra. ¿Os pais desta moza van vellos? ¡Non coñezo soldado máis valente có coronel Luís! Se todo o mundo se tivese comportado coma el, o outro aínda estaría aquí.

     A bendición do soldado, a única que lles deran nese día, foi coma un bálsamo para o corazón de Ginevra.

     Separáronse apertando as mans, e Luigi déulle as máis cordiais gracias ó seu caseiro.

     —Adeus, valente –díxolle Luigi ó sarxento, agradézocho.

     —Sempre ó seu servicio, meu coronel. Alma, individuo, cabalos e coches, na miña casa todo é seu.

     —¡Como te quere! –dixo Ginevra.

     Luigi levou rapidamente a noiva para a casa na que ían vivir, pronto chegaron ó seu modesto apartamento; e alí, tras pecha-la porta, Luigi colleu a súa muller nos brazos exclamando:

     —¡Oh, miña Ginevra!, porque agora es miña, aquí está a verdadeira festa. Aquí –proseguiu–, todo nos vai sorrir.

     Percorreron xuntos os tres cuartos que compoñían a súa vivenda. O cuarto da entrada servía de salón e de comedor. Á dereita había un dormitorio, á esquerda un gran gabinete que Luigi mandara arranxar para a súa querida muller e onde ela atopou cabaletes, a caixa de pinturas, xeso, modelos, manequíns, cadros, portafolios, en fin, todo o equipo do artista.

     —Así que aquí é onde vou traballar –dixo ela cunha expresión infantil.

     Contemplou moito tempo o papel, os mobles e, a cada pouco, viraba cara a Luigi para lle da-las gracias, pois había unha especie de magnificencia naquel pequeno reducto: unha biblioteca contiña os libros favoritos de Ginevra, ó fondo había un piano. Sentou nun diván, atraeu a Luigi onda ela, e, apertándolle a man, dixo con voz acariciante:

     —Tes bo gusto.

     —As túas palabras fanme moi feliz –respondeu el.

     —Pero imos ver todo –dixo Ginevra, pois Luigi arranxara con moito misterio a decoración daquel retiro.

     Foron cara a cámara nupcial, fresca e branca coma unha virxe.

     —¡Oh!, saiamos –dixo Luigi, rindo.

     —Pero eu quero velo todo –e a imperiosa Ginevra examinou o amoblamento co coidado curioso dun anticuario que examina unha medalla, tocou as sedas e pasou revista a todo coa alegría inxenua dunha acabada de casar que desprega as riquezas do seu enxoval–. Comezamos por arruinarnos –dixo medio alegre, medio triste.

     —¡É verdade! Tódolos atrasos da miña paga están aí –respondeu Luigi–. Vendinlla a un bo home chamado Gigonnet.

     —¿Por que? –preguntou ela cun ton de reproche no que se notaba unha satisfacción secreta–. ¿Cres que eu sería menos feliz baixo un simple teito? Pero, todo esto é moi bonito, e é noso –Luigi contemplábaa con tanto entusiasmo que ela baixou os ollos e díxolle–: Imos ve-lo resto.

     Encima daqueles tres cuartos, no faiado, había un gabinete para Luigi, unha cociña e un cuarto de servicio. Ginevra quedou satisfeita co seu pequeno dominio, aínda que a vista se atopase pechada polo ancho muro dunha casa contigua e que o patio polo que entraba a luz fose escuro. Pero os dous amantes tiñan o corazón tan gozoso, a esperanza pintáballes un futuro tan fermoso, que só quixeron ver encantadoras imaxes no seu misterioso asilo. Estaban no fondo daquela vasta casa e perdidos na inmensidade de París coma dúas perlas na súa nácara, no seo dos profundos mares: para outro calquera, aquilo tería sido unha prisión, para eles foi un paraíso. Os primeiros días da súa unión pertenceron ó seu amor. Foilles moi difícil entregarse de pronto ó traballo, e non puideron resistir ó encanto da súa propia paixón. Luigi permanecía horas enteiras deitado ós pés da súa muller, admirando a cor do seu cabelo, o corte da fronte, o encantador marco dos ollos, a pureza, a brancura dos dous arcos baixo os que esvaraban lentamente expresando a felicidade dun amor satisfeito. Ginevra acariciaba a cabeleira do seu Luigi sen cansar de contemplar, segundo unha das súas expresións, a beltà folgorante daquel mozo, a finura das súas faccións; sempre seducida pola nobreza dos seus modais como ela o seducía coa gracia dos seus. Xogaban coma nenos con cousas de nada, esas miudallas levábanos sempre á súa paixón e non cesaban nos seus xogos máis que para caer no soño do far niente. Unha canción cantada por Ginevra reproducía de novo os matices deliciosos do amor. Logo, unindo os seus pasos como uniran as súas almas percorrían os campos encontrando o amor por todas partes, nas flores, no ceo, nos matices ardentes do solpor; líano ata nas nubes caprichosas que loitaban no aire. Un día non se asemellaba nunca ó precedente, o seu amor ía medrando porque era verdadeiro. Probáranse en poucos días e recoñeceran instintivamente que as súas almas eran desas con riquezas inesgotables que sempre parecen prometer novos gozos para o futuro. Era o amor en toda a súa inxenuidade, coas súas interminables conversas, a súas frases inacabadas, os seus longos silencios, o seu repouso oriental e o seu ardor. Luigi e Ginevra comprenderan todo sobre o amor. ¿O amor non é coma o mar que, visto superficialmente ou á présa, é acusado de monotonía polas almas vulgares, mentres que certos seres privilexiados poden pasa-la vida a admiralo, atopando sen cesar fenómenos cambiantes que os encantan?

     Non embargante, un día a previsión veu saca-los novos esposos do seu Edén, facíase necesario traballar para vivir. Ginevra, que posuía un talento especial para imitar cadros antigos, púxose a facer copias e creou a súa clientela entre os vendedores de antigüidades. Pola súa banda, Luigi buscou traballo activamente; pero era moi difícil para un oficial novo, de talentos que se limitaban a coñecer ben a estratexia, encontrar un emprego en París. Por fin, un día en que, canso de vans esforzos, estaba desesperado vendo que o fardo da súa existencia recaía todo sobre Ginevra, pensou en tirar partido da súa letra, que era moi fermosa. Cunha constancia da que a súa muller lle daba exemplo, acudiu a solicitar traballo entre os procuradores, os notarios e os avogados de París. A franqueza dos seus modais e a súa situación falaron vivamente en favor seu e obtivo bastantes encargos, tantos que tivo que buscar axudantes. Insensiblemente emprendeu a copia de escrituras en gran cantidade. O producto dese despacho e o prezo dos cadros de Ginevra acabaron por poñe-lo novo matrimonio nunha situación acomodada que os encheu de orgullo, pois proviña do seu traballo. Foi o máis fermoso momento das súas vidas. Os días transcorrían rapidamente entre as ocupacións e as alegrías do amor. Ás noites, despois de traballar moito, encontrábanse cheos de felicidade no gabinete de Ginevra. A música consolábaos das fatigas. Nunca unha expresión de melancolía veu escurece-los trazos da moza e nunca se permitiu unha queixa. Sempre se mostraba ante o seu Luigi co sorriso nos labios e os ollos radiantes. Os dous acariciaban un pensamento dominante que lles faría atopar pracer nos traballos máis rudos: Ginevra pensaba que traballaba para Luigi e Luigi para Ginevra. Ás veces, en ausencia do seu marido, a moza pensaba na felicidade perfecta que tería se esta vida de amor transcorrese en presencia de seu pai e de súa nai, entón sumíase nunha profunda melancolía experimentando o poder dos remorsos; avesíos cadros pasaban coma sombras pola súa imaxinación: vía o vello de seu pai só ou a súa nai chorando ás noites e furtándolle as súas lágrimas ó inflexible Piombo; aquelas dúas testas brancas e graves alzábanse de pronto ante ela, parecíalle que xa non as ía contemplar máis que á fantástica luz da lembranza. Esa idea perseguíaa coma un presentimento. Celebrou o aniversario de voda regalándolle ó seu home un retrato que sempre desexara, o da súa Ginevra. Nunca compuxera a xuvenil artista nada tan notable. A parte dun parecido perfecto, o brillo da súa beleza, a pureza dos sentimentos, a felicidade do amor, reflectíanse nel cunha especie de maxia. A obra de arte foi inaugurada. Pasaron aínda outro ano en situación acomodada. A historia da súa vida pódese resumir en dúas palabras: eran felices. Non lles ocorreu ningún acontecemento que mereza ser contado.

     Ó comezo do inverno do ano 1819, os mercadores de cadros aconselláronlle a Ginevra que fixese outra cousa que copias, pois xa non as podían vender avantaxadamente por culpa da competencia. A señora Porta recoñeceu o erro que cometera en non practica-la pintura de cadros de xénero que lle terían dado un nome e empezou a facer retratos; pero tivo que loitar cunha morea de artistas aínda máis pobres ca ela. Con todo, como Luigi e Ginevra reuniran algún diñeiro, non temeron ó porvir. Na fin do inverno daquel mesmo ano, Luigi traballou sen descanso. El tamén loitaba contra a competencia: o prezo das escrituras baixara tanto que xa non podía empregar a ninguén e encontrábase na necesidade de dedicar máis tempo ca antes ó seu labor para consegui-la mesma suma. A súa muller rematara varios cadros que non carecían de mérito; pero os mercadores mal compraban os dos artistas con certa fama. Ginevra ofreceunos a ruín prezo sen podelos vender. A situación daquela parella tiña algo de espantoso, as almas dos dous esposos nadaban en felicidade, o amor abafábaos cos seus tesouros, a pobreza erguíase coma un esqueleto no medio daquela colleita de pracer e ocultábanse un ó outro as súas preocupacións. No momento en que Ginevra estaba a piques de chorar, vendo que o seu Luigi sufría, colmábao de caricias. De igual xeito Luigi tiña unha pena negra no fondo do corazón mentres lle expresaba a Ginevra o máis tenro amor. Buscaban unha compensación ós seus males na exaltación dos sentimentos, e as palabras, as alegrías e mailos xogos impregnábanse dunha especie de frenesí. Tiñan medo do futuro. ¿Que sentimento hai con forza que se poida comparar á dunha paixón que debe acabar ó día seguinte asasinada pola morte ou pola necesidade? Cando falaban da súa indixencia, sentían a necesidade de se enganar un ó outro e asíanse con igual ardor á máis lixeira esperanza. Unha noite, Ginevra buscou en van a Luigi onda ela na cama, e ergueuse chea de medo. Un feble resplandor reflectido na parade do pequeno patio fíxolle adiviñar que o seu marido traballaba durante a noite. Luigi agardaba que a súa muller durmise antes de subir ó seu gabinete. Deron as catro, Ginevra volveuse deitar, finxiu durmir, Luigi regresou esgotado de canseira e de sono e Ginevra ollou dolorosamente para aquela fermosa cara sobre a que os traballos e as preocupacións xa imprimían algunhas engurras.

     —Pása-las noites a escribir por min –dixo, chorando.

     Un pensamento secoulle as bágoas. Pensaba en imitar a Luigi. O mesmo día foi á casa dun rico comerciante de gravados e, cunha carta de recomendación que lle pediu ó negociante Elie Magus, un dos seus compradores de cadros, conseguiu un encargo para colorear láminas. Polo día pintaba e ocupábase dos coidados da casa; despois, cando chegaba a noite, coloreaba gravados. Aqueles dous seres namorados só entraban entón ó leito nupcial para saír del. Os dous finxían durmir e, por sacrificio, separábanse en canto un enganara ó outro. Unha noite, Luigi, sucumbindo á especie de febre causada por un traballo baixo o peso do cal empezaba a ceder, abriu a claraboia do seu gabinete para respira-lo aire puro da mañá e sacudi-las dores, cando, ó baixa-la mirada, albiscou o resplandor proxectado sobre a parede pola lámpada de Ginevra; o infeliz comprendeuno todo, baixou, foi andando silenciosamente e sorprendeu á súa muller no medio do taller coloreando gravados.

     —¡Oh, Ginevra! –exclamou.

     Ela deu un chimpo convulsivo na cadeira e ruborizouse.

     —¿Como podía eu durmir tranquila mentres ti te esgotabas de fatiga? –dixo.

     —Pero só a min me corresponde a obriga de traballar así.

     —¿Podo permanecer ociosa –respondeu a moza cos ollos cheos de bágoas– cando sei que cada anaco de pan nos custa case unha pinga do teu sangue? Morrería se non unise os meus esforzos ós teus. ¿Non debe ser todo común entre nós, dores e penas?

     —Tes frío –exclamou Luigi con desespero–. Abriga ben o peito co chal, miña querida Ginevra, a noite está húmida e fresca.

     Foron onda a ventá, a moza apoiou a cabeza no peito do ben amado que a suxeitaba polo van e os dous, sumidos nun fondo silencio, miraron para o ceo que a alba iluminaba lentamente. Nubes de cor gris sucedéronse rapidamente e o oriente fíxose cada vez máis luminoso.

     —Ves –dixo Ginevra–, é un presaxio: imos ser felices.

     —Si, xa o ceo, –respondeu Luigi, cun sorriso amargo–. ¡Oh, Ginevra! Ti que merecías tódolos tesouros da terra...

     —Teño o teu corazón –dixo ela, cun acento de ledicia.

     —¡Ah!, eu non me queixo –continuou el, apertándoa fortemente contra ela, e cubriu de bicos aquel rostro delicado que comezaba a perde-la frescura da mocidade, pero que tiña unha expresión tan tenra e tan doce, que non o podía ver nunca sen se sentir consolado.

     —¡Que silencio! –dixo Ginevra–. Amigo meu, encontro un gran pracer en permanecer en vela. A maxestade da noite é realmente contaxiosa, impón, inspira; hai un non sei qué de poderoso nesta idea: todo dorme e eu velo.

     —¡Oh, miña Ginevra! ¡Non foi hoxe cando souben como é delicada e graciosa a túa alma!  Pero velaí a aurora, imos durmir.

     —Si –respondeu ela–, se non durmo soa. ¡Canto sufrín a noite en que me decatei de que o meu Luigi velaba sen min!

     A coraxe coa que aqueles dous mozos combatían a desgracia recibiu durante algún tempo a súa recompensa; pero o acontecemento que case sempre colma de felicidade os matrimonios ía ser funesto para eles: Ginevra tivo un fillo que, por usar unha expresión popular, era “fermoso coma un sol”. O sentimento da maternidade dobrou as forzas da moza. Luigi pediu diñeiro emprestado para poder paga-lo parto de Ginevra. Así que, nos primeiros momentos, ela non sentiu todo o malestar da situación e os dous esposos entregáronse á felicidade de criar un fillo. Foi a súa derradeira felicidade. Coma dous nadadores que unen as súas forzas para loitar contra a corrente, os dous corsos batéronse ó primeiro valentemente; pero ás veces abandonábanse a unha apatía semellante a eses sonos que preceden a morte, e pronto se viron obrigados a vende-las xoias. A Pobreza mostrouse de pronto, non odiosa, senón vestida con simpleza e case doce de soportar; a súa voz non tiña nada de estarrecedor, non arrastraba tras dela nin desesperación, nin espectros, nin farrapos; pero facía perde-lo recordo dos costumes da abundancia; gastaba os resortes do orgullo. Despois, veu a Miseria en todo o seu horror, despreocupada polos seus farrapos e pisando tódolos sentimentos humanos. Sete ou oito meses despois do nacemento do pequeno Bartholoméo, custaba traballo recoñecer na nai que aleitaba aquel neno mirrado o orixinal do admirable retrato, o único adorno dun cuarto nu. Sen lume nun duro inverno, Ginevra viu como os graciosos contornos da súa cara se destruían lentamente, as súas meixelas tornáronse brancas coma a porcelana e os seus ollos, pálidos, coma se as fontes da vida se esgotasen nela. Vendo o seu neno enfraquecido, descolorido, só sufría por esta nova miseria, e Luigi xa nin se atrevía a sorrir ó seu fillo.

     —Corrín todo París –dicía cunha voz xorda–, non coñezo a ninguén ¿e como lles vou pedir a descoñecidos? Vergniaud, o gandeiro, o meu vello exipcio, está implicado nunha conspiración, metérono no cárcere e ademais xa me emprestou todo o que podía. En canto ó noso caseiro, hai un ano que non nos pide nada.

     —Pero se non necesitamos nada –respondeu docemente Ginevra finxindo tranquilidade.

     —Cada día que chega trae unha nova dificultade –dixo Luigi con terror.

     Colleu tódolos cadros de Ginevra, o retrato, varios mobles dos que aínda podían prescindir, vendeu todo a baixo prezo, e a suma que obtivo prolongou a agonía do matrimonio durante algún tempo. Naqueles días de desgracia, Ginevra mostrou o sublime do seu carácter e a extensión da súa resignación, soportou estoicamente os embates da dor, a súa alma enérxica sostíñaa contra tódolos males, traballaba con man desfalecida xunto ó seu fillo agonizante, facendo os labores da casa cunha actividade milagrosa, e ocupábase de todo. Mesmo era feliz cando vía nos labios de Luigi un sorriso de asombro á vista da limpeza que ela facía reinar na única estancia onde se refuxiaran.

     —Amigo meu, gardeiche este anaco de pan –díxolle ela un día en que volvía canso.

     —¿E ti?

     —Eu xa comín, querido Luigi, non necesito nada.

     E a doce expresión do seu rostro apremábao, aínda máis cá súa palabra, a aceptar un alimento do que ela se privaba. Luigi bicouna cun deses bicos de desesperación que se daban en 1793 entre amigos á hora de subiren xuntos ó cadafalso. Neses momentos supremos, dous seres vense cos corazóns. Entón, o desgraciado Luigi comprendendo de golpe que a súa muller estaba en xaxún, compartiu a febre que a devoraba, estremeceuse, saíu pretextando un asunto urxente, pois tería preferido toma-lo veleno máis sutil antes que evita-la morte comendo o último anaco de pan que se encontraba na súa casa. Púxose a errar por París entre os máis brillantes coches, no seo dese luxo insultante que estala por todas partes; pasou rapidamente polas tendas dos cambiadores onde resplandece o ouro; por fin, resolveu venderse, ofrecerse como substituto para o servicio militar esperando que aquel sacrificio salvaría a Ginevra e que, durante a súa ausencia, ela podería ser perdoada por Bartholoméo. Así que, foi buscar un deses homes que fan o tráfico de brancos e experimentou unha especie de felicidade ó recoñecer nel a un antigo oficial da garda imperial.

     —Hai dous días que non como –díxolle, cunha voz lenta e débil–, a miña muller morre de fame e non me dirixe nin unha queixa, creo que expiraría sorrindo. Por favor, camarada –engadiu, cun sorriso amargo–, págame por adiantado, son robusto, xa non estou no servicio e...

     O oficial deulle unha suma a Luigi á conta da que se comprometía a lle conseguir. O infortunado lanzou un riso convulsivo cando tivo na man unha presa de moedas de ouro, correu con tódalas forzas á casa, alasando e berrando por veces:

     —¡Oh, miña Ginevra! ¡Ginevra!

     Comezaba a cae-la noite cando chegou á casa. Entrou a modiño, temendo darlle unha emoción demasiado forte á súa muller que deixara tan débil. Os últimos raios de sol que penetraban pola claraboia viñan morrer sobre a cara de Ginevra que durmía sentada nunha cadeira co seu fillo no colo.

     —Esperta, miña alma –dixo sen se decatar da postura do seu fillo que naquel momento conservaba un fulgor sobrenatural.

     Ó oír aquela voz a pobre nai abriu os ollos, atopou a mirada de Luigi e sorriu; pero Luigi deu un berro de espanto: a penas recoñeceu a súa muller, case tola, á que cun xesto dunha enerxía salvaxe, lle mostrou o ouro.

     Ginevra botou a rir maquinalmente e de repente exclamou cunha voz terrible:

     —¡Luís!, o neno está frío.

     Mirou para o seu fillo e desvaneceuse, pois o pequeno Bartholoméo estaba morto. Luigi colleu a súa muller nos brazos sen lle quita-lo neno que apertaba cunha forza incomprensible; e despois de pousala no leito saíu para pedir socorro.

     —¡Oh, meu Deus! –díxolle ó caseiro, a quen atopou na escaleira–, teño ouro e o meu fillo morreu de fame, súa nai morre, ¡axúdenos!

     Volveu coma un desesperado onda a súa muller e deixou ó honrado albanel e mais varios veciños ocupados en reunir todo o que podía aliviar unha miseria descoñecida ata entón, tan coidadosamente a ocultaran os dous corsos, por un sentimento de orgullo. Luigi tirara o ouro no chan e axeonllárase á cabeceira da cama onde xacía a súa muller.

     —¡Pai!, coide do meu fillo que leva o seu nome –berraba Ginevra no seu delirio.

     —¡Oh, meu anxo!, acouga  –dicíalle Luigi abrazándoa–, agárdannos días felices.

     Aquela voz e aquela caricia devolvéronlle algo de sosego.

     —¡Oh, meu Luís! –continuou ela mirándoo cunha atención extraordinaria–, escóitame ben. Sinto que morro. A miña morte é natural, sufría demasiado e ademais unha felicidade tan grande coma a miña había que pagala. Si, meu Luigi, consólate. Fun tan feliz que se vivise outra vez volvería acepta-lo noso destino. Son unha mala nai: síntoo máis por ti ca polo noso fillo. Meu fillo –engadiu cun ton de voz profundo. Dos seus ollos agonizantes desprendéronse dúas bágoas e de súpeto apertou o cadáver que non puidera quentar–. Dálle a miña cabeleira a meu pai, en recordo da súa Ginevra –proseguiu–. Dille que nunca o acusei...

     A súa cabeza caeu no brazo do esposo.

     —Non, non podes morrer –exclamou Luigi–, vai vi-lo médico. Temos pan. Teu pai vaite recibir e hache perdoar. A prosperidade alzouse para nós. ¡Fica connosco, anxo de beleza!

     Pero aquel corazón fiel e cheo de amor ía arrefriando, Ginevra volvía instintivamente os ollos cara a aquel que adoraba, se ben xa non fose sensible a nada: imaxes confusas ofrecíanse ó seu espírito, a piques de perder todo recordo da terra. Sabía que Luigi estaba alí porque seguía apertando a súa man xeada e parecía querer aguantar sobre un precipicio no que cría caer.

     —Amigo meu –dixo por fin–, tes frío, voute quentar.

     Quixo poñe-la man do home sobre o seu corazón, pero expirou. Dous médicos, un sacerdote e uns veciños entraron nese momento traendo todo o necesario para salva-los dous esposos e calma-la súa desesperación. Aqueles estraños fixeron ó primeiro moito ruído; pero cando entraron no cuarto, un horrible silencio reinou alí.

    

Mentres que tiña lugar esta escena, Bartholoméo e a súa muller estaban sentados nas súas butacas antigas, cada a un nun canto da vasta cheminea cun ardente braseiro que a penas quentaba o inmenso salón do seu palacio. O péndulo marcaba a media noite. Había moito tempo que a vella parella perdera o sono. Naquel momento estaban silenciosos coma dous vellos retornados á infancia e que miran todo sen ver nada. O salón, deserto pero cheo de recordos para eles, estaba debilmente iluminado por unha soa lámpada a piques de apagarse. Se non fose polas chamas relucentes do fogar estarían nunha completa escuridade. Un dos seus amigos acababa de deixalos e a cadeira na que sentara durante a súa visita atopábase entre os dous corsos. Piombo xa lle botara máis dunha ollada a aquela cadeira e esas olladas cheas de ideas sucedíanse coma os remordementos, pois a cadeira baleira era a de Ginevra. Elisa Piombo espiaba as expresións que pasaban pola branca cara do seu home. Aínda que estivese acostumada a adiviña-los sentimentos do corso, segundo as cambiantes revolucións das súas faccións, eran, alternativamente, tan ameazadores e tan melancólicos, que xa non podía ler naquela alma incomprensible.

      ¿Sucumbía Bartholoméo baixo as poderosas lembranzas que espertaba aquela cadeira? ¿Sorprendíao ver que acababa de ser utilizada por primeira vez por un estraño desde a partida da súa filla? ¿Soara a hora da súa clemencia, esa hora tan en van esperada ata entón?

     Estas reflexións axitaron sucesivamente o corazón de Elisa Piombo. Por un instante, a fisionomía do seu home tornouse tan terrible que ela tremeu por terse atrevido a empregar unha argucia tan simple para provoca-la ocasión de falar de Ginevra. Nese momento, o nordés lanzou tan violentamente as folerpas de neve sobre as persianas que os dous anciáns puideron oí-lo seu lixeiro murmurio. A nai de Ginevra baixou a cabeza para ocultarlle as lágrimas ó seu home. De súpeto saíu un suspiro do peito do vello, a muller ollou para el, estaba abatido; ela arriscouse, por segunda vez en tres anos, a falarlle da súa filla.

     —Se Ginevra pasase frío –dixo docemente. Piombo estremeceuse–. Se cadra ten fame –continuou. O corso deixou caer unha lágrima–. Ten un fillo e non o pode alimentar, fóiselle o leite –seguiu a nai con desesperación.

     —¡Que veña!, ¡que veña! –exclamou Piombo–. ¡Oh, miña filla querida!, vencíchesme.

     A nai ergueuse como para ir busca-la súa filla. Nese momento abriuse a porta con estrépito e un home cun rostro que non tiña nada de humano xurdiu, de súpeto, ante eles.

     —¡Morta! As nosas dúas familias debíanse exterminar unha á outra, pois velaí todo o que queda dela –dixo mentres pousaba nunha mesa a longa cabeleira negra de Ginevra.

     Os dous anciáns estremecéronse coma se un raio os golpease, e xa non viron a Luigi.

     —Afórranos un disparo, pois xa está morto –exclamou Bartholoméo mirando ó chan.

 

                                                                                                        París, xaneiro do 1830.

 

 

 

 

Notas :

1. Carrache: familia de pintores italianos dos séculos XVI e XVII.

 

2. maquis: mato moi espeso que cobre grandes porcións de Córsega e tradicional refuxio e escondedoiro de bandidos ou perseguidos políticos.

 

3. pé: medida de lonxitude equivalente a  uns 30 centímetros.

 

4. Os Cen Días: período comprendido entre o 20 de marzo de 1815 (retorno a París de Napoleón 1º, fuxido da illa de Elba) e o 22 de xuño de 1815 (segunda abdicación), marcado por un intento de monarquía constitucional e as campañas militares que o emperador se viu obrigado a emprender contra unha coalición europea. A derrota de Waterloo (18 de xuño) supuxo a fin dos Cen Días.

 

5. Charles Huchet, conde de Labédoyère ou La Bedoyère (París 1786 - 1815) militar francés. Entregoulle as súas tropas a Napoleón de volta da illa de Elba. Nomeado xeneral polo Emperador, foi fusilado ó segundo retorno dos Borbóns.