|
Chámote, Virxilio, dende ben lonxe. Xa van alá máis de dous mil anos des que anunciáche-la chegada da Idade de Ouro, do Neno que traería un novo Comezo; lémbrate do que nos dixeches: despois dos pequenos dons trala terra farturenta en froitos e a destrución da serpente chegará o grande agasallo: o Medo que aprisiona desaparecerá. Viaxo, Virxilio, polo norte dun lugar que agora chamamos América. os rumores que corrían no porto de Brindisi levaban a verdade, non era Thule a derradeira terra; máis alá había bosques, ríos, chairas, praderías, illas, desertos; había seres humanos que dicían Milwaukee, Mississippi, Saskatchewan; moitos repetiron aquí as túas palabras, Arcadia, Vida Nova, Paraíso. Se viñeses aquí, alucinarías. A vida que ti e mais eu coñecemos, e que, como infatigable xastre, tantos anos, tantos séculos, coseu, desapareceu para sempre. Os fíos, a tea, non resultaron máis fortes que os que a araña tece entre unha herba e outra. Estiven en Kansas, estiven en Texas, estiven en Oklahoma e Colorado: non vin un só pastor solitario. Estiven en San Diego, Denver, Elko; tampouco alí observan a lúa e as estrelas antes da sementeira; as follas das árbores borboriñan en balde, a chuvia cae soa, os paxaros escriben no aire mensaxes que ninguén sabe ler. En canto ós nenos, nos os verás xogando ó marro ou á billarda; non os verás camiñar abrazados. Esta é outra vida, pode que mellor. ¿E o Medo? Preguntas. Non, Virxilio, o Medo non desapareceu. Segue aquí sen deixar que ninguén durma feliz xunta a beira das fontes ou dos ríos, baixo a branda sombra. Estiven en Atlanta, Washington, Durham, ¡Coidado! Dixéronme, non vaia por alí, non atravese a rúa, non saia pola noite. ¡Cantos policías, xuízos, cadeas, cadeiras eléctricas, cámaras de gas! As cifras, Virxilio, impresionan. Estiven en Alabama, en Virxinia, polos Apalaches cheguei a Vermont seguindo os pasos de García Lorca que chorou alí, onda o lago Edem, amargamente, polo seu mal amor e porque a Morte o buscaba. ¿Sabes, Virxilio? Nos bombardeos metíase debaixo da cama, cos seus sobriños, coma un neno máis. Non hai máis Edén ca ese lago, Esas augas grises, eses abetos. ¡Isto é América! soen berrar, ¡Este é o mellor país do mundo! Pero teñen medo, Virxilio. Se viñeses aquí poderías velos escondidos debaixo da cama, chorando nas beiras dos lagos, abrazándose ós abetos para non caer, como García Lorca, ou coma min mesmo, que non sei, que non me dou afeito a vivir fóra do paraíso. Estiven en Boston, en Northampton, en Hanover busquei un teléfono: as voces das miñas fillas recorreron sete mil quilómetros e soaron coma dúas campaíñas de cristal. Jone dixo: quero chocolate. Elisabet berrou: ¡é terrible! ¡Pinocho meteuse dentro da balea, nos sei como sairá! Tres días máis tarde, en Grantham, un paxaro repetiu as súas palabras. Virxilio, ¡é a vida tan fráxil! Paxaros, campaíñas, palabras, ¿que poden facer nesta nova Idade de Ferro, como loitarán? Se te crese santo, se non soubese que serviches a un emperador e que ás veces che faltou a piedade, imploraría o teu amparo, rezaríache. Pero non podemos pedircho todo. Abóndanos co consolo que os teus distantes versos aínda nos dan.
|