Voltar

Villiers de L’Isle Adam

Selección de contos crueis

Versión galega de Luisa Domínguez

 

VÉRA

Á Señora condesa de Osmoy

A forma do corpo élle máis esencial ca a substancia.

A Fisioloxía moderna

 

O Amor é máis forte ca a Morte, dixo Salomón: si, o seu misterioso poder é ilimitado.

Era un solpor dunha tarde de outono, nestes últimos anos, en París. Cara ao escuro arrabalde de Saint-Germain, circulaban carruaxes coas luces xa acesas, con atraso, despois da hora do Bosque. Unha delas parou diante da cancela dunha ampla morada señorial, rodeada de xardíns seculares; un escudo de pedra coas armas da antiga familia dos condes de Athol coroaba a cimbra; líase "de azul, coa estrela estragada pola prata" co lema "PALIDA VICTRIX" baixo a coroa alzada cun armiño de gorro principesco. Abríronse as pesadas follas. Un home de trinta e cinco anos, de loito, con lividez cadavérica, apeouse. Na escalinata, uns taciturnos serventes erguían candeeiros. Sen ollalos, subiu os banzos e entrou. Era o conde de Athol.

Inseguro, subiu as brancas escaleiras que conducían a aquel dormitorio onde, xusto pola mañá, deitara nun cadaleito de veludo e envolvera con violetas, nun mar de batista, a súa voluptuosa muller, a súa pálida esposa, Véra, a súa desesperanza.

Arriba, a silenciosa porta xirou sobre a alfombra; levantou a colgadura.

Todos os obxectos ficaban onde a condesa os deixara a véspera. A Morte, repentina, disparara. A noite anterior, a súa amada esvaérase en ledicias tan profundas, perdérase en abrazos tan exquisitos que o seu corazón, esnaquizado de pracer desfalecera: os seus beizos molláranse bruscamente cunha púrpura mortal. Case nin tivera tempo de darlle ao seu esposo un bico de despedida, sorrindo, sen dicir palabra: logo as súas longas pestanas, como veos de loito, abatéranse na fermosa noite dos seus ollos.

O innomeable día pasara.

Cara ao mediodía, o conde Athol, despois da horrible cerimonia do panteón familiar, despedira no cemiterio a negra comitiva. Logo, pechándose, só, coa sepultada, entre as catro paredes de mármore, pechou a porta de ferro do mauseolo. – Ardía incenso nun trípode, diante do cadaleito. Na cabeceira, resplandecía na nova defunta unha coroa luminosa de lámpadas.

El, de pé, ensimesmado, só co sentimento de tenrura sen esperanza, permanecera alí, todo o día. Arredor das seis, ao lusco-fusco, saíra do lugar sagrado. Ao pechar o sepulcro, ripara da fechadura a chave de prata, e, erguéndose no derradeiro banzo do limiar, guindáraa suavemente ao interior do sepulcro. Lanzáraa nas lousas interiores, polo trifolio que remataba o pórtico. Por que isto? Sen nengunha dúbida, por algunha decisión misteriosa de non volver máis.

E agora volvía ver o seu dormitorio viúvo.

Baixo as amplas colgaduras de caxemira malva tecida con ouro, a ventá estaba aberta: un derradeiro raio da tarde alumaba, nun marco antigo de madeira, o grande retrato da falecida. O conde mirou, arredor de si, o vestido tirado, a véspera, nun cadeira de brazos; na cheminea, as xoias, o colar de perlas, o abano medio pechado, o pesados frascos de perfumes que Ela non volvería respirar. No leito de ébano con columnas retorcidas, que seguía sen facer, xunto á almofada onde aínda se vía, no medio dos encaixes, o oco da cabeza adorada e divina, albiscou o pano arroibado con pingas de sangue no que a súa alma nova esvaecera; o piano aberto, aturando unha melodía inacabada para sempre; as flores indias collidas por ela, no invernadoiro, que morrían en vellos floreiros de porcelana Saxonia; e, ao pé da cama, nunha pel negra, as pequenas chinelas de veludo oriental, nas que brillaba unha divisa graciosa de Véra, bordada con perlas: Quen vexa a Véra amaraa. Os pes espidos da amada xogaban alí onte pola mañá, bicados a cada paso pola penuxe dos cisnes! E alí, alí, na sombra, o reloxo de parede, cuxo resorte rompera para que non volvese marcar máis horas.

Así pois fórase!... Onde!... Vivir agora? – Para que?... Era imposible, absurdo.

E o conde atormentábase con pensamentos descoñecidos.

Lembraba toda a existencia pasada. – Transcorreran seis meses desde a voda. Non fora acaso no estranxeiro, no baile dunha embaixada onde a vira por primeira vez?... Si. Aquel intre resucitaba perante os seus ollos, moi distinto. Aparecíaselle alí, radiante. Aquela noite, as súas olladas atopáranse. Intimamente recoñecéranse dunha natureza semellante, polo que habían de amarse para sempre.

As conversas decepcionantes, os sorrisos que observan, as insinuacións, todas as dificultades que suscita o mundo para retardar a inevitable ledicia dos que se pertencen, esvaeceran perante a tranquila certeza que nese intre tiveron un do outro.

Véra, cansa de insulseces cerimoniosas do seu círculo, acudiu a el desde a primeira circunstancia adversa, simplificando así, de xeito augusto, os pasos triviais nos que se perde o tempo valioso da vida.

Oh! ata que punto, desde as primeiras palabras, as vas apreciacións dos indiferentes sobre eles lles pareceron unha bandada de aves noitébregas retornando ás tebras! Que sorriso intercambiaron! que inefable abrazo!

No entanto, a verdade é que a súa natureza era das máis estrañas! - Eran dous seres dotados dun sentido marabilloso pero exclusivamente terrenais. As sensacións prolongábanse neles cunha intensidade inquietante. Nelas esquecíanse de si mesmos de tanto experimentalas. Pola contra, algunhas ideas, a da alma, por exemplo, do Infinito, do mesmo Deus, estaban como ocultas ao seu entendemento. A fe dun grande número de persoas nas cousas sobrenaturais a eles apenas os asombraba: carta pechada da que non se preocupaban, ao non ter criterio para condenar ou xustificar. Por isto, admitindo que o mundo lles era alleo, illáranse en canto casaron, nesta fermosa e escura morada, onde a espesura dos xardíns amortecía os ruídos exteriores.

Alí, os dous amantes somerxéronse no océano das alegrías lánguidas e perversas nas que o espírito se mestura coa carne misteriosa! Esgotaron a violencia dos desexos, os estremecementos e os desfreados aloumiños. Convertéronse un no latexo do outro. Neles a mente penetraba tan ben o corpo, que as súas formas semellábanlles intelectuais, e os bicos, como aneis ardentes, encadeábanos nunha fusión ideal. Longas horas de cegueira! De súpeto, o encanto rompía; o accidente terrible desuníaos; os seus brazos desatáranse. Que sombra lle arrebatara a súa amada morta? Morta! Non. Acaso a renxedura dunha corda que se rompe leva a alma dos violoncelos?

Pasaron as horas.

El miraba, pola ventá a noite que se internaba no ceo: e a Noite parecíalle persoal; ela parecíalle unha raíña camiñando, con melancolía, cara ao exilio, e o corchete de diamante da súa túnica de loito, Vénus, única, brillaba sobre as árbores, perdida ao fondo do azul.

-É Véra, pensou.

Por este nome, pronunciado en voz baixa, sobresaltouse como un home que esperta; logo, incorporándose, mirou ao seu arredor.

Os obxectos, no dormitorio, agora estaban alumados por un resplandor ata daquela impreciso, o resplandor dunha lámpada de noite, azulando as tebras, e que a noite, instalada no firmamento, revelaba aquí como unha estrela máis. A lámpada, co arrecendo a incenso, dun iconostasio, era un relicario familiar de Véra. O tríptico, de valiosa madeira vella, estaba pendurado pola súa espartería rusa, entre o espello e o cadro. Un brillo dos ouros do interior caía, vacilante, sobre o colar, entre as xoias da cheminea.

A auréola de medio punto da Madonna en hábitos celestiais brillaba, coroada coa cruz bizantina cuxos finos e vermellos contornos, unidos co brillo, sombreaban con tintura de sangue o escintileo das perlas.

Desde nena, Véra tiña compaixón, cos seus grandes ollos, da face maternal e tan pura da hereditaria Madonna, e da súa natureza, desgraciadamente! ao non poder dedicarlle máis ca un supersticioso amor, ofrecíallo ás veces, inxenua, pensativa, cando pasaba diante da lámpada.

O conde, á vista disto, conmovido por lembranzas dolorosas ata o máis profundo da súa alma, incorporouse, apagou axiña o resplandor santo, e ás apalpadas, na escuridade, alargando a man cara a un timbre, chamou.

Apareceu un servente: era un ancián vestido de negro; termaba dunha lámpada que pousou debaixo do retrato da condesa. Cando se xirou, cun arrepío de terror supersticioso, viu ao seu amo de pé e sorrinte como se nada pasase.

-Raymond, dixo tranquilamente o conde, esta noite a condesa e mais eu estamos vencidos polo cansazo; ti servirás a cea a iso das dez. Por certo, decidimos illarnos máis, aquí, desde mañá. Ningún dos meus serventes, agás ti, debe pasar a noite na morada. Ti pagaraslles o salario de tres anos, e que se vaian.- Logo, atrancarás a cancela; acenderás os candís de abaixo, no comedor; contigo abondaranos. A partir de agora non recibiremos a ninguén.

O ancián tremía e fitábao con atención.

O conde acendeu un puro e baixou ao xardín.

O servente primeiro pensou que a dor demasiado intensa, demasiado desesperada, confundira a mente do seu amo. Coñecíao desde neno; comprendeu nese intre que o golpe dun espertar demasiado repentino podía serlle fatal a este sonámbulo. O seu deber era ante todo respectar semellante segredo.

Baixou a cabeza. Unha complicidade sacrificada a este relixioso soño? Obedecer? Seguir servíndoos sen ter en conta a Morte? – Que idea estraña!... Aguantaría unha noite?...Mañá, mañá, desgraciadamente!...Ah! quen sabía! Talvez!... – Proxecto sagrado, despois de todo! Con que dereito reflexionaba?...

Saíu do dormitorio, cumpriu as ordes ao pé da letra e, aquela mesma noite, comezou a insólita existencia.

Tratábase de crear unha terrible ilusión.

As molestias dos primeiros días desapareceron axiña. Raymond, primeiro con abraio, logo cunha especie de deferenza e tenrura, dérase tan ben o xeito para resultar natural, que apenas tres semanas despois se sentiu el mesmo case vítima da súa boa vontade. A segunda intención palidecía! Ás veces, ao sentir unha especie de vertixe, tivo que dicirse que a condesa estaba positivamente falecida. Tomaba en serio ese xogo fúnebre e esquecía a realidade a cada momento. Logo lle cumpriu unha reflexión para se convencer e repoñerse. Ben viu que se acabaría entregando por completo ao magnetismo pavoroso co que o conde ía penetrando a atmosfera arredor deles. Tiña medo, un medo indeciso, doce.

D´Athol, desde logo, vivía absolutamente na inconsciencia da morte da súa amada! Non facía máis ca atopala sempre presente, de tanto mesturarse a forma da súa amada coa súa. Unha vez, nun banco do xardín, os días de sol, lía en voz alta as poesías que lle gustaban a ela; outras veces, ás noites, a carón do lume, con dúas cuncas de té nun velador, charlaba coa Ilusion sorrinte, sentada, baixo a súa mirada, na outra butaca.

Os días, as noites, as semanas fuxiron. Nin un nin o outro sabían o que facían. E agora ocorrían fenómenos singulares nos que se facía difícil distinguir o punto onde o imaxinario e o real eran idénticos. Unha presenza flutuaba no aire: unha forma esforzaba en translucirse, tramarse no espacio que se volvera indefinible.

D´Athol vivía por duplicado: como iluminado. Unha face doce e pálida, enxergada como un lóstrego, entre dúas chiscadelas de ollos; un leve acorde tocado no piano, de súpeto; un bico que lle pechaba a boca no momento en que ía falar, afinidades de pensamentos femininos que espertaban nel como resposta ao que el dicía, semellante desdobramento del mesmo que ulía, como nunha bruma fluída, o arrecendo vertixinosamente doce da súa amada xunto a el e, de noite, entre a vixilia e o sono, palabras escoitadas en voz moi baixa: todo o avisaba. Era unha negación da Morte por fin elevada a unha potencia descoñecida!

Unha vez d´Athol sentiuna e viuna tan ben a carón del que a abrazou: pero este movemento disipouna.

-Nena! murmurou sorrindo.

E volveuse durmir como un amante ao que rexeita a súa amante risoña e somnolenta.

O día do seu santo, el colocou, de broma unha sempreviva no ramo que tirou na almofada de Véra.

-Xa que se cre morta, dixo.

Grazas á profunda e todopoderosa vontade de M. d´Athol, que, de tanto amala, fraguaba a vida e a presenza da súa muller na morada solitaria, esta existencia acabara tendo un encanto escuro e persuasivo.- O mesmo Raymond xa non sentía ningún espanto, fórase acostumando a estas impresións.

Un vestido de veludo negro enxergado á volta dun camiño; unha voz risoña que o chamaba no salón; unha chamada ao timbre pola mañá ao espertar, coma antes; todo isto fixéraselle familiar: era como se a morte xogase a ser invisible, coma un neno. Sentíase tan amado! Era moi normal.

Transcorrera un ano.

A noite do Aniversario, o conde, sentado a carón do lume, no dormitorio de Véra, aca baba de lerlle unha troba florentina: Calímaco. Cerrou o libro; logo servíndose té:

- Douschka, dixo, lémbraste da Vallée-des-Roses, das beiras do Lahn, do castelo dos Quatre-Tours?... Esta historia lembrouchos, non?

Levantouse, e, no espello azulado, viuse máis pálido ca de costume. Colleu un brazal de perlas nunha copa e mirou con atención as perlas. Véra non as sacara do brazo, antes de espirse? As perlas aínda estaban mornas e o seu oriente máis pulido, como pola calor da súa carne. E o ópalo do colar siberiano, ao que tamén lle gustaba o fermoso seo de Véra ata palidecer, de xeito enfermizo, sen o seu cutín de ouro, cando a moza o esquecía por algún tempo. Antes, por isto á condesa gustáballe esta pedrería fiel!... Aquela noite o ópalo brillaba como se acabase de ser abandonada e coma se o magnetismo exquisito da bela morta a penetrase aínda. Ao pousar o colar e a pedra preciosa, o conde tocou por casualidade o pano de batista con pingas de sangue húmidas e vermellas como caraveis na neve!... Alí, no piano, quen pasara a páxina final da melodía de antano? Que! A lámpada sagrada volvérase acender, no relicario! Si, a súa chama dourada alumaba misticamente a face, cos ollos pechados, da Madona! E estas flores orientais, collidas de novo, que se abrían alí, nos vellos xarróns de Saxonia, que man as acababa de colocar? O dormitorio parecía alegre e con vida, dun xeito máis significativo e máis intenso ca de costume. Pero nada podía sorprender ao conde! Isto parecíalle tan normal, que nin siquera se deu de conta de que a hora soaba no reloxo de parede que levaba un ano parado.

Aquela noite, porén, era coma se, desde o fondo das tebras, a condesa Véra intentase adorablemente voltar a este dormitorio completamente impregnado dela! Deixara nel tanto da súa persoa! Todo o que constituíra a súa existencia a atraía. O seu encanto flutuaba; as longas violencias da vontade apaixonada do seu esposo probablemente afrouxasen os imprecisos vencellos do Invisible arredor dela!...

Ela era necesaria alí. Todo o que ela quería, estaba alí.

Tería ganas de vir sorrirse outra vez neste espello misterioso onde ela tantas veces admirara a súa face de brancura inmaculada! A doce morte, alí, estremecera, claramente, nas súas violetas, baixo as lámpadas apagadas; a divina morte tremera, no panteón, soa, ollando a chave de prata guindada nas lousas. Quería vir cara a el, tamén! E a súa vontade perdíase na idea do incenso e do illamento. A Morte non é unha circunstancia definitiva máis ca para os que esperan o ceo; senón que a Morte, e o Ceo, e a Vida, para ela, non era acaso a aperta deles? E o bico solitario do seu esposo atraía os seus beizos, na sombra. E o son pasado das melodías, as palabras achispadas de antano, os tecidos que cubrían o seu corpo e conservaban o seu perfume, aquelas pedrerías máxicas que a querían, na súa escura simpatía,- e sobre todo a inmensa e absoluta impresión da súa presenza, opinión compartida finalmente polas cousas mesmas, todo a chamaba alí, a atraía alí desde había tanto tempo, e tan sensiblemente, que liberada por fin da Morte durminte, non faltaba máis ca Ela soa ! Ah! as Ideas son seres vivos!... O conde sucara no aire a forma do seu amor, e cumpría que este baleiro fose colmado polo único ser que lle era homoxéneo; de non ser así o Universo viríaselle abaixo. A impresión pasou, naquel momento, definitiva, sinxela, absoluta, que Ela debía estar alí, no dormitorio! Estaba tan tranquilamente seguro disto como da súa propia existencia, e todas as cousas, arredor del, colmábanse desta convicción. Víase alí! E, como só faltaba a propia Véra, tanxible, exterior, cumpriu que se atopase e que o gran Soño da Vida e da Morte entornase un momento as súas portas infinitas! A fe enviáralle o camiño da resurrección! Unha fresca gargallada de risa musical alumou coa súa ledicia o leito nupcial; o conde xirouse. E alí, diante dos seus ollos, feita de vontade e de lembranza, acobadada, fluída, na almofada de encaixes, coa man termando da pesada cabeleira negra, a boca deliciosamente entreaberta nun sorriso colmado de voluptuosidades, fermosa ata morrer, en fin! a condesa Véra mirábao aínda un pouco durmida.

-Roger!... dixo con voz afastada.

Veu a carón dela. Os seus beizos uníronse con alegría divina, - esquecediza,-immortal!

E decatáronse daquela, que non eran, realmente, máis ca un só ser.

As horas rozaron cun voo alleo esta éxtase onde se xuntaban, por primeira vez, a terra e o ceo.

De súpeto, o conde de Athol sobresaltouse, cal vítima dunha reminiscencia fatal.

-Ah! agora, xa me lembro!... dixo. Que me pasa? Pero estás morta!

Xusto nese intre, con esta palabra, a mística lámpada de noite do iconostasio apagouse. O pálido amencer -dunha mañá banal, escura e chuviosa,- filtrouse no dormitorio polos intersticios das cortinas. As candeas palideceron e apagáronse, deixando fumear con acritude as súas mechas vermellas, o fogo desapareceu baixo unha capa de cinsas mornas; as flores murcharon e secaron en pouco tempo; a péndola do reloxo recobrou gradualmente a súa inmobilidade. A certeza de todos os obxectos esvaeuse subitamente. O ópalo, morto, xa non brillaba; as manchas de sangue tamén murcharan, sobre o batista, a carón dela; e borrándose entre os brazos desesperados que querían en van volver abrazala, a ardente e branca visión penetrou no aire e perdeuse. Un feble suspiro de despedida, distinto, afastado, chegou ata a alma de Roger. O conde incorporouse; acababa de decatarse que estaba só. O seu soño acababa de disolverse dun golpe; rompera o magnético fío da súa radiante trama cunha soa palabra. Agora a atmosfera era a dos defuntos.

Todo esvaecera, como estas bágoas de cristal, engadidas iloxicamente, e porén tan sólidas que un mazazo sobre a súa parte grosa non as rompería, senón que caerían nun súbito e impalpable po se se rompese a extremidade máis fina ca a punta dunha agulla.

-Oh! murmurou, acabouse, pois! – Perdida!...Soa! -Cal é o camiño, agora, para chegar a ti? Indícame o camiño que me pode conducir cara a ti!...

De súpeto, como unha resposta, un obxecto brillante caeu do leito nupcial, sobre a negra pel, cun ruído metálico: un raio da horrorosa luz terrestre alumouno!... O abandonado agachouse, colleuno, e un sorriso sublime iluminou o seu rostro ao recoñecer este obxecto: era a chave do panteón.

 

AS SEÑORITAS DE BIENFILÂTRE

Ao Señor Théodore de Banville

Luz!...

Derradeiras palabras de Goethe.

PASCAL dinos que desde o punto de vista dos feitos, o Ben e o Mal son unha cuestión de "latitude".

Certamente, tal acto humano chámase crime, aquí, boa acción alá, e reciprocamente. –Así, en Europa, polo xeral, quérese aos pais maiores;-en certas tribos de América convéncenos de que suban a unha árbore; logo, sacódese a árbore. Se caen, o deber sagrado de todo bo fillo é, como antano facían os Mesenios, de moelos a machadazos de inmediato, para evitarlles as preocupacións da decrepitude. Se atopan a forza de aferrarse a algunha póla, entón é que aínda valen para cazar ou pescar, e daquela aprázase a súa inmolación. Outro exemplo: os pobos do Norte, aos que lles gusta beber viño, dioivo rebordante onde dorme o amado sol. A nosa relixión nacional mesmo nos avisa que "o bo viño aleda o corazón". Para os veciños mahometanos, ao sur, considérase este feito un grave delito.-En Esparta, practicábase e honrábase o roubo: era unha institución hierática, un complemento indispensable na educación de todo lacedemonio serio. De aí, probablemente, os gregos. En Laponia, é un honor para o pai de familia que a súa filla sexa obxecto de todas as atencions que poida ter o viaxeiro admitido no seu fogar. Ao igual que en Besarabia. Ao norte de Persia, e nas tribos do Cabul, que viven en tumbas moi antigas, se ao recibir, nun sepulcro cómodo, unha acollida hospitalaria e cordial, non se é, despois de vinte e catro horas, unlla e carne, con toda a prole do anfitrión, guebro, parsi ou uahabita, é lóxico esperar que se lle arrinque simplemente, a cabeza, -suplicio de moda nestas paraxes. Os actos físicos son pois indiferentes: só a conciencia de cada un fainos bos ou malos. O punto misterioso que xace no fondo deste inmenso malentendido é esa necesidade natural onde se atopa o Home de facerse distinto e escrupuloso, de prohibirse tal acción antes que tal outra, segundo o vento do seu pais lle sopre de aquí ou de alá: en fin, é como se a Humanidade enteira esquecese e buscase lembrar, ás apalpadas, non se sabe que lei perdida.

Hai algúns anos, prosperaba, orgullo dos nosos bulevares, un amplo e luminoso café, situado case en fronte dun dos nosos teatros de costumes, cuxo frontón recorda ao dun templo pagán. Alí, reuníanse a cotío a elite desta xente nova que destacaba, polo seu labor artístico, pola súa ineptitude ou pola súa actitude nos días revoltos que atravesamos.

Entre estes últimos, mesmo os hai que empuñaron as rendas do carro do Estado. Como se ve, non era unha cervexa calquera a que se servía neste café das Mil e unha noites. O burgués de París só falaba deste pandemonio baixando a voz. A miúdo, o prefecto da cidade botaba nel descoidadamente, ao xeito de carta de visita, un monllo selecto, un ramo inesperado de gardas municipais; estes, con aquel semblante distraído e sorrinte que os distingue, quitaban o po entón, como quen xoga, coa punta dos seus abrigos, das cabezas fedellas e pillabanas. Ao día seguinte, xa non se notaba.

Na terraza, entre a ringleira de coches de punto e a vidrieira, unha alfombra de mulleres, unha florescencia de moños, fuxidos do lapis de Guys, emperiquitadas de vestidos inverosímiles, descansaban comodamente nas cadeiras, a carón dos veladores de ferro batido pintados de verde esperanza. Nestes veladores entregábanse beberaxes. Os ollos tiñan algo de azor e de ave de curral. Unhas conservaban nos seus xeonllos un grande ramo, outras un cadeliño, outras nada. Parecía que agardaban a alguén.

Entre estas mulleres, chamaban a atención dúas pola súa asiduidade; os siareiros da célebre sala chamábanlles, a secas, Olympe e Henriette. Chegaban ao amencer, instalábanse nun oco ben alumado, reclamaban, máis por compostura que por necesidade real, unha copiña de licor ou un café frío, logo vixiaban os transeúntes con ollar meticuloso.

Eran as señoritas de Bienfilâtre!

Os seus pais, persoas íntegras, educadas na escola da infelicidade, non tiveran os recursos suficientes para que gozasen dunha aprendizaxe: o oficio desta parella austera consistía, principalmente, en pendurar, en cada momento, con actitudes desesperadas, desta longa espiral que se corresponde coa fechadura dunha porta cocheira. Duro oficio! e para conseguir uns poucos cartos para Deus!!! Xamais lles tocara un can na lotería! Por iso refungaba Bienfilâtre, unha mañá mentres facía un flan. Olympe e Henriette, como fillas respectuosas, entenderon axiña que cumpría intervir. Irmás de vida alegre desde a máis tenra infancia, dedicaron o prezo das súas vixilias e da súa suor a manter un modesto pero honorable acomodo na portería.-"Deus bendí os nosos esforzos", dicían ás veces, pois inculcáranlles bos principios e, tarde ou cedo, unha primeira educación, baseada nos principios sólidos, dá os seus froitos. Cando un se preocupaba de saber se os seus labores, ás veces excesivos, non alteraban a súa saúde, contestaban, evasivamente, con este aire doce e incómodo da modestia e baixando os ollos: "Hai indultos de estado..."

As señoritas de Bienfilâtre eran, como se di, esas obreiras "que fan da noite a xornada". Elas desempeñaban o máis dignamente posible (dados certos prexuízos do mundo) unha tarefa ingrata, con frecuencia pesada. Non eran estas ociosas que rexeitan, por deshonroso, o santo calo do traballo e non lles caían os aneis. Mencionábase varios trazos fermosos delas cuxa cinza de Monthyon debera estremecer no seu fermoso cenotafio.- Unha noite, entre outras, rivalizaran en emulación e superáranse para liquidar a sepultura dun vello tío que, no entanto, non lles legara máis ca a lembranza dunhas labazadas variadas cuxa distribución tivera lugar antano, nos días da súa infancia. Por iso as vían con bos ollos todos os siareiros da estimable sala, entre os que se atopaba xente que non transixía. Un sinal amigable, un saúdo de boas noites, sempre respondían á súa mirada e ao seu sorriso. Nunca ninguén lles dirixira un reproche nin unha queixa. Cadaquén recoñecía que o seu negocio era doce, afable. En resumo, non lle debían nada a ninguén, cumprían todos os seus compromisos e podían, polo tanto, andar coa cabeza alta. Exemplares, aforraban polo que puidese pasar, para "os tempos difíciles" para retirarse honorablemente dos negocios algún día. -Comedidas, cerraban os domingos. Como rapazas sensatas, non facían caso dos comentarios dos lambidos que non valen máis ca para afastar as mozas da vía ríxida do deber e do traballo. Pensaban que hoxe en día só a lúa é gratuíta no amor. O seu lema era: "Celeridade, Seguridade, Discreción"; e, nas súas tarxetas de visita, engadían: "Especialidades".

Un día, a máis nova, Olympe, botouse a perder. Ata agora irreprochable, esta infeliz criatura sucumbiu ás tentacións ás que a expuña máis que outras (que a censuraron quizais demasiado axiña) o ambiente no que o seu estado a obrigaba vivir. Total, cometeu un erro: amou.

Foi o seu primeiro erro; pero quen sondeou o abismo ao que nos pode arrastrar un primeiro erro? Un estudante, cándido, fermoso, con apaixonada alma de artista, paupérrimo, un tal Maxime, do que ocultamos o apelido, díxolle galanterías e botouna a perder.

Inspiroulle a paixón celestial a esta pobre criatura que, dada a súa posición, non tiña máis dereito a probala ca Eva a comer o froito divino da Árbore da Vida. Desde aquel día, esqueceuse de todos os seus deberes. Todo andou sen orde nin concerto. Cando a unha rapaza se lle sobe o amor á cabeza, esquécete dela!

E a súa irmá, que mágoa! esta nobre Henriette, que agora cedía, como se di, baixo o peso! Ás veces, collía a cabeza entre as mans, dubidando de todo, da familia, dos principios, da Sociedade mesma! - "Non son máis ca palabras!" berraba. Un día, atopárase con Olympe vestida cun vestido negro, co pelo solto e un pequeno cunco de folla de lata na man. Henriette, ao pasar, sen finxir recoñecela, díxolle en voz moi baixa: "Irmá, o seu comportamento é incalificable! Polo menos, garde as apariencias!".

Con estas palabras, talvez agardase un retorno cara ao ben.

Todo foi en van. Henriette sentiu que Olympe estaba perdida; ruborizouse e seguiu.

O feito é que andaran con contos na sala honorable. Pola noite, cando Henriette chegaba soa, a acollida era distinta. Hai solidariedades. Decatábase de certos matices, humillantes. Mostrábaselle máis frialdade desde a noticia da malversación de Olympe. Orgullosa, sorría como o mozo Espartano ao que un raposo lle desgarraba o peito, pero neste corazón sensible e leal, afectábanlle todos estes golpes. Para a verdadeira delicadeza, con frecuencia unha nimiedade prexudica máis ca a aldraxe groseira, e, neste aspecto, Henriette era unha persoa excesivamente sensible. Como debeu sufrir!

E pola noite , ao cear en familia! O pai e a nai, baixando a cabeza, comían en silencio. Non falaban da ausente. Na sobremesa, no momento do licor, Henriette e a súa nai, despois de botarse unha ollada furtiva, e despois de secar cadansúa bágoa, dábanse un silencioso apertón de mans por debaixo da mesa. E o vello porteiro, desgustado, abría a porta, sen motivo, para disimular algunha bágoa. Ás veces, volvendo bruscamente a cabeza, levaba a man ao ollal como para arrincar condecoracións.

Unha vez, mesmo, o conserxe intentou recuperar a súa filla. Triste, comprometeuse a subir algúns andares do mozo. Alí: -Quería a miña pobre nena!" saloucou. –Señor, respondeu Maxime, ámoa e suplícovos que me conceda a súa man.- Miserable!" exclamou Bienfilâtre, mentres fuxía, indignado por este "cinismo".

Henriette apurara o cáliz. Cumpría unha derradeira tentativa; resignouse a arriscar todo, incluso o escándalo. Unha noite, soubo que a deplorable Olympe ía ir ao café aboar unha pequena e vella débeda: avisou a súa familia e dirixíronse cara ao café luminoso.

Igual ca Malonia deshonrada por Tiberio presentándose perante o Senado romano para acusar o seu violador, antes de se apuñalar de desperación, Henriette entrou na sala dos austeros. O pai e a nai, por dignidade, ficaron na porta. Tomaban café. Ao ver a Henriette, as fisionomías agraváronse con certa severidade; pero cando se deron conta de que quería falar, as longas follas dos xornais baixaron sobre as mesas de mármore e fíxose un relixioso silencio: tratábase de xulgar.

Distinguíase nun recuncho, nunha mesiña apartada, avergoñada e facéndose case invisible, Olympe e o seu pequeno vestido negro.

Henriette falou. Durante o seu discurso, albiscábanse, a través da vidrieira, os Bienfilâtre, preocupados, ollando sen entender. Finalmente, o pai non puido máis; entornou a porta, e, aguzando o oído, coa man no pomo da fechadura, escoitaba.

E chegábanlle frases entrecortadas cando Henriette elevaba un pouco a voz: -Debíase aos seus semellantes!...Tal conducta... Era poñerse a mal con toda a xente seria... Un golfo que non lle dá unha cadela!...Un tunante!... O ostracismo que pesaba sobre ela... Retirar a súa responsabilidade... Unha moza que botou o mundo ao lombo... que papa moscas...que antes... estaba no poleiro...Esperaba que a voz destes señores, con máis autoridade ca a súa, que os consellos de súa vella experiencia lúcida ... a farían volver ás ideas máis sas e máis prácticas... Non se está no mundo para a diversión!... Ela suplicáballes que interviñesen... Botaba man dunhas lembranzas da infancia!...da voz do sangue! Todo fora en van... Xa nada vibraba nela. Unha filla perdida! – E que aberración!...Que mágoa!"

Naquel momento, na sala honorable entrou o pai, curvado. Ao ver o aspecto da infelicidade inmerecida, levantáronse todos. Existen certas dores que non se intenta consolar. Cadaquén veu, en silencio, apertar a man do digno ancián, para testemuñarlle, discretamente, que participaban no seu infortunio.

Olympe retirouse, avergoñada e pálida. Ao sentirse culpable, dubidara un intre en botarse nos brazos da familia e da amizade, sempre abertos ao arrepentimento. Pero a paixón prevalecera. Un primeiro amor bota no corazón profundas raíces que asfixian mesmo os xermes dos sentimentos anteriores.

Porén o escándalo tivera unha repercusión fatal no organismo de Olympe. A súa conciencia, torturada, rebelábase. Ao día seguinte colleu febre. Meteuse na cama. Morría de vergoña, literalmente. O moral mataba o físico: a folla desgastaba a vaiña.

Deitada no seu cuartiño e sentindo a proximidade do pasamento, chamou. Unhas boas almas veciñas trouxéronlle un ministro do ceo. Unha delas advertiu de que Olympe estaba feble e necesitaba tomar reconstituíntes. Entón unha serventa tróuxolle unha potaxe.

Apareceu o cura.

O vello eclesiástico esforzouse en calmala con palabras de paz, esquecemento e misericordia.

-Tiven un amante!... murmurou Olympe, acusándose así do seu deshonor.

Omitía todos os pequenos pecados, os murmurios, as impaciencias da súa vida. Só lle viña á mente isto: era a obsesión. "Un amante! Por pracer! Sen gañar nada!" Este era o crime.

Non quería atenuar a súa falta falando da vida anterior, ata aquel momento sempre pura e completamente abnegada. Sentía que neste punto era irreprochable. Pero a vergoña, onde sucumbía, de lle gardar fielmente o amor a un mozo sen posición e que, seguindo a expresión exacta e vingativa da súa irmá, non lle daba unha cadela! Henriette, que nunca fraqueara, aparecíalle como nunha auréola. Sentíase condenada e temía os lóstregos do xuíz soberano fronte ao que se podía atopar cara a cara, dun momento a outro.

O eclesiástico, acostumado a todas as miserias humanas, atribuía ao delirio certos puntos que lle parecían inexplicables,-incluso imprecisos- na confesión de Olympe. Houbo aquí, quizais, unha confusión, certas expresións da pobre rapaza deixaron pensativo ao párroco por dúas ou tres veces. Pero, sendo o arrepentimento e o remorso o único do que se tiña que preocupar, importáballe pouco o detalle da falta; abondaban a boa vontade da penitente e a súa dor sincera. Daquela, no momento en que ía levantar a man para absolvela, abriuse a porta ruidosamente: era Maxime, espléndido, con aspecto feliz e radiante, coa man chea dalgúns escudos e tres ou catro napoleóns que facía bailar e soar triunfalmente. A súa familia dérallos polos seus exames: para a súa matrícula.

Olympe, sen reparar ao principio nesta significativa circunstancia atenuante, estendeu, con horror, os seus brazos cara a el.

Maxime parárase, sorprendido pola escena.

- Ánimo, miña nena!... murmurou o cura, que creu ver, neste movemento de Olympe, un adeus definitivo ao obxecto dunha alegría culpable e inmodesta.

En realidade, o que ela rexeitaba deste mozo só era o crime – e este crime era o de non ser "serio".

Mais no momento en que o augusto perdón baixaba sobre ela, un sorriso celeste alumou os seus trazos inocentes; o cura pensou que se sentía salvada e escuras visions seráficas translucían para ela nas mortais tebras da última hora. -Olympe, certamente, acababa de enxergar as moedas de metal sagrado relucindo entre os dedos transfigurados de Maxime. Foi, soamente, daquela, cando sentiu os efectos saudables das misericordias supremas! Rachou un veo. Era o milagre! Con este signo evidente, víase perdoada e redimida desde arriba.

Abraiada, coa conciencia tranquila, pechou as pálpebras como para se recoller antes de abrir as ás cara ao infinito azul. Logo os beizos entreabríronse e exhalou o seu derradeiro suspiro, como o arrecendo dunha azucena, susurrando palabras de esperanza:

-"Veu a luz!"