| I. Conversa na almofada Maeve, a fermosa e orgullosa raíña de Connacht, estaba sentada co seu marido, Ailell, e cada un alardeaba de ter riquezas e tesouros maiores có outro. Falaron das súas mandas e dos seus rabaños, dos seus mercenarios e das súas escravas, dos seus torques e copas dourados e das súas vaixelas de prata e bronce branco. Trouxeron todo isto e puxérono diante deles, compararon e contaron todo ata os máis humildes dos seus bens: as cuncas, tinallas e teteiras de ferro, as cubas dos cervexeiros; e en tódalas cousas Maeve igualaba ó seu marido. Entre as ovellas de Maeve había un famoso carneiro, pero Ailell podía amosar un que se comparaba; Maeve tiña un prezado verrón pero Ailell tiña outro; Maeve sinalou un distinguido pura sangue, pero Ailell tiña outro que o equiparaba. E así, o reconto e comparanza dos seus bens igualábaos en tódalas cousas, menos nunha: Ailell tiña no seu rabaño un famoso touro de cornos brancos e Maeve non tiña ningún que opoñerlle. E, debido a isto, Maeve deu en pensar que o valor de toda a súa propiedade non valía o rabo dun can, pois que lle faltaba unha cousa que a igualase ó seu marido. Chamou de contado a Mac Roth, o heraldo, e ordenoulle que indagase ónde se podía atopar en todo o país de Erín un touro igual ó de Ailell. Mac Roth contestou que había un cas Daire Mac Fiachniu, no país do Ulster, e que se coñecía como o Touro Pardo de Cooley. Cando oíu isto, Maeve ordenoulle a Mac Roth que partise de contado, que levase agasallos para Daire e que lle pedise emprestado o Touro Pardo por un ano. Mac Roth preparouse e, levando consigo nove serventes, dirixiuse ó dun (castelo) de Daire a fume de carozo. Unha vez alí, entregou os seus agasallos e tanto el coma os serventes foron ben recibidos: espallaron xuncos e xuncas frescas no chan na súa honra e servíronlles comidas delicadas e viños embriagadores para que se refrescaren. Ó seu debido momento Mac Roth pediu emprestado o Touro Pardo para a súa real señora e ofreceu, como pagamento polo empréstito, un anaco da terra de Connacht do mesmo tamaño cá terra que Daire xa posuía no Ulster, un carro e tres veces sete escravas, cincuenta xovencas e a honra e a estima de Maeve ata o día da morte do propio Daire. Cóntase que cando Daire oíu tal oferta alegrouse tanto que comezou a saltar enriba do sofá con tanta alegría que rebentaron as costuras da funda baixo del. Aceptou de bo grado o trato e marchou dispor el mesmo o envío do Touro Pardo a Connacht. Daquela, mandouse buscar máis viño, máis forte, e poñelo diante de Mac Roth e dos mensaxeiros de Maeve para sela-lo vínculo; segundo ían bebendo o viño embriagador, as linguas comezaban a soltarse, as voces eran cada vez máis altas e comezaron a discutir e rivalizar cos Homes do Ulster, esquecendo o que Mac Roth lles ordenara ter en conta. Así, a conversa e a fachenda foron cada vez a máis ata que a voz dun home de Connacht, facendo calar a berros ós demais, dixo: -Fixo ben Daire en cedérno-lo Touro Pardo de Cooley pola súa propia vontade porque, de non aceptar, a raíña Maeve e o seu exército habíano sacar do Ulster pola forza. Cando lle dixeron isto a Daire, púxose furioso, foi onda os homes de Connacht e berrou: -Xuro polos deuses que adoro que, a non ser polas malas, o touro nunca entrará en Connacht. Que Maeve e Ailell veñan e o collan, de poderen, pero o Ulster vaise preparar para quedar con el. Mac Roth e os nove mensaxeiros volveron onda Maeve e contáronlle que Daire rexeitara emprestárlle-lo touro debido á fachenda dun dos seus homes, bébedo de viño. Pero a orgullosa raíña, rexeitando tódalas escusas do heraldo, dixo: -De certo, Mac Roth, non hai necesidade de darlle voltas ó motivo do seu rexeitamento, posto que era sabido de todos que se non entregaba o Touro Pardo pola súa vontade, íanllo quitar sen ela; e habémosllo quitar. Logo Fergus Mac Roy, que estaba sentado á beira de Maeve, dixo que todo indicaba que ía vir unha guerra espantosa por culpa deses dous touros. -Posto que -dixo- os deuses envexosos os enviaron a Erín para causa-la destrucción e o caos entre os homes, proceden de lugares encantados. O Touro de Cornos Brancos de Connacht e o Touro Pardo do rabaño de Daire de Cooley, no país do Ulster -continuou- son enormes e teñen a forza de cincuenta touros normais. Dise do Pardo que, mentres está tranquilamente deitado á tardiña, poden xogar cincuenta rapaces no seu largo lombo. Tamén se di que se está anoxado, o seu bufido e o seu brado son coma tronos que retumban en todo país de Erín, e que se alguén ousa achegarse a el cando está furioso, hao patear ata deixalo uns nove metros baixo terra. Ten o orgullo e o esplendor dun rei -dixo Fergus- cando vai diante das súas vacas, a súa colosal fronte ergueita por enriba do rabaño e os seus cornos de ouro. -En todo o país de Erín non hai outro que se iguale a el en forza, esplendor e orgullo -dixo Ailell-, a non se-lo Touro de Cornos Brancos de Connacht. -Gustaría de saber máis destes mensaxeiros dos deuses -dixo Maeve, volvéndose cara a Fergus. -Antes de toma-la aparencia de touros -continuou Fergus- xa viñeran á terra metamorfoseados, pero fose cal fose a forma sempre traían con eles guerras e destrucción. Unha vez viñeron como porqueiros dos deuses, coidaron o gando encantado dos deuses de Munster e Connacht pero tamén daquela provocaron unha guerra espantosa con asasinatos e incendios que devastou todo o país. Logo viviron durante douscentos anos entre a raza humana como corvos pero, ó final, pelexaron e morreron loitando; agora que volveron outra vez á terra é seguro que han arrastrar tras deles a raza humana cara á ruína e a destrucción. -Viríanos ben entrar nunha guerra agora -dixo Maeve-, posto que estamos preparados: os guerreiros máis valentes do Ulster están da nosa parte, os nosos aliados e mercenarios esperan as nosas ordes e Conor e os seus Cabaleiros da Póla Vermella están baixo o feitizo da enfermidade. Así que a orgullosa raíña decidiu invadi-lo Ulster, chamou ós seus homes e capitáns e mandou por todo o país mensaxeiros ós seus aliados para que viñesen e se unisen a ela na guerra. E estes comezaron a chegar diariamente para aumenta-la xuntanza arredor do seu palacio de Rathcruachan: compañías de homes con ondeantes saias escocesas e longas barbas, procedentes do afastado sur e oeste, enormes guerreiros das terras vizosas de Leinster, no leste, e incluso había unha compañía do Ulster baixo o mando de Fergus Mac Roy quen, aínda que non estaba ansioso por loitar contra os seus compatriotas, devecía por atacar a Conor porque o traizoara ó mata-los seus valentes compañeiros, os tres fillos de Usnach. Tamén Ailell reuniu as súas forzas e chamou ós seus aliados e así, en pouco tempo, a terra cha que rodeaba o palacio real de Maeve converteuse nun gran campo de guerreiros esperando a orde da raíña para poñérense camiño da guerra. Pola noite, Maeve botou unha ollada dende o seu palacio, que estaba nun outeiro sobre o campamento, e viu as tendas amoreadas dos Homes de Erín. Arredor das súas murallas estaba instalado un exército considerable, coas fogueiras ennegrecendo as estrelas e as lanzas brillando no lume. Tamén os seus espías estaban a chegar do Ulster dicindo que en todo o país non había unha man que puidese erguer unha soa lanza posto que tódolos guerreiros do Ulster aínda estaban baixo o feitizo da maldición de Macha (o feitizo que tódolos anos a anoxada deusa puxera sobre os guerreiros do Ulster en vinganza polo mal que a tratara Conor). Daquela, era seguro que aquel era o momento de partiren os Homes de Erín e de tomaren o Ulster por sorpresa: cando non había en todo o país unha soa persoa para dete-la súa marcha. Pero os druídas e sabios de Maeve retivérona ata que aparecese un bo agoiro. As prediccións non eran boas e a propia Maeve estaba preocupada posto que ¿non lle falara Fedelma, a Profetisa, dun mozo do Ulster que había aniquilar moitos dos Homes de Erín e había matar os seus máis valentes campións? E así, pasaron vinte preciosos días observando os sinais e os agoiros e consultando cos druídas e sabios ata que, ó final, o máis sabio de tódolos seus bruxos dixo que comezaba un tempo de bo agoiro e de sorte para poñerse en camiño. Entón Maeve nomeou a Fergus Mac Roy xefe explorador do exército dos Homes de Erín pois que, ó ser do Ulster, sabía de tódolos vaos e camiños e carreiros que había por toda a fronteira. Ela mesma tomou o mando de todo o exército, pediu que preparasen o seu carro, desenvaiñou a espada e entrou nel. Logo apareceu ante as tropas "unha muller fermosa, de pel branca, con longas meixelas, alta e con longo cabelo louro sobre os ombros" e, coa espada brandida sobre a cabeza, coma unha auténtica deusa, conduciu o carro arredor de toda a multitude para observa-lo seu ánimo e ver en qué disposición estaban para partir. Logo, á súa orde, o exército dos Homes de Erín ergueu un bosque de aceiro sobre as súas cabezas e comezou a súa marcha cara ó Ulster.
II. Cuchullin garda o Desfiladeiro do Norte Cando o exército de Maeve se puxo camiño do Ulster, Fergus, o seu xefe explorador e guía, indicóulle-lo camiño; mais a medida que se ía acercando á fronteira e viu o seu país ante el, comezou a gustarlle cada vez menos a tarefa que Maeve lle encomendara: a de conduci-los Homes de Erín ó Ulster; polo que comezou a levalos por mal camiño por todo o país, a través de sendas fragosas e pantanosas para fatigalos e pasa-lo tempo, de xeito que á noitiña do primeiro día non estaban moi lonxe de onde partiran pola mañá. Fergus tamén lle mandou mensaxes secretas ós xefes do Ulster e, en particular, a Cuchullin, ó que quería coma a un fillo, informándoos da chegada de Maeve e pedíndolles con insistencia que reunisen os seus homes e se preparasen para defende-la súa terra. Maeve deuse pronto de conta que Fergus non conducía o seu exército á fronteira polo camiño máis curto e reprochoullo, pero Fergus contestoulle de maneira arrogante: -Nunca levarei os Homes de Erín contra a miña provincia. Tedes que conseguir outra persoa que guíe as vosas tropas. Aquela noite, cando Cuchullin recibiu o aviso secreto de Fergus atopábase en Muirthemne co seu pai. Ordenoulle a Laegh que preparase o seu carro, mandou o pai a Emain Macha para espera-lo rei e os seus Guerreiros da Póla Vermella e, mentres se afastaba, díxolle: -Heime apostar na fronteira entre o Ulster e os Homes de Erín e defenderei o Desfiladeiro do Norte ata que o rei e os Guerreiros da Póla Vermella se recuperen da súa enfermidade. A partir de hoxe fustrigarei e atacarei tanto as hostes de Maeve, que desexarán non ter emprendido nunca o camiño. O día seguinte conduciu por toda fronteira ata que topou as pegadas dos Homes de Erín. Logo foi a un bosque e cortou un carballo novo, apertouno entre os pés e tirou para despoxalo dos seus ramallos e pólas, deixándoo tan nu e liso que se di que ata a un mosquito lle sería difícil mante-lo equilibrio nel. Despois colleuno entre a punta dos dedos e lanzouno ó outro lado do vao, de xeito que quedou cravado no medio do río. Entón colleu un anaco da cortiza dun bidueiro, escribiu nela o seu nome en clave e un aviso ós Homes de Erín de que non debían pasar máis alá dese punto e atou o anaco de cortiza a un pao. Mentres andaba a facer isto viu dous dos exploradores de Maeve acercándose e mirando para el ocultos nas árbores. Dun só salto Cuchullin caeu sobre eles e cortóulle-las cabezas e púxoas xunto coas cabezas dos cocheiros nas catro puntas do pao bifurcado que cravara no medio do vao. Logo colleu os dous carros e, poñendo en cada un deles os dous corpos sanguentos e decapitados, viroulle a cabeza ós cabalos e mandounos de volta a galope ó campamento dos Homes de Erín. Maeve viu cos seus propios ollos o regreso dos carros e logo as catro cabezas gotexantes e ensanguentadas no pao bifurcado. Estaba segura de que debía de ser obra dunha grande compañía de guerreiros e, temorosa de que os exércitos do Ulster se estivesen a acercar silandeiramente, mandou buscar a Fergus para interrogalo. Fergus mirou o pao e leulle a Maeve a mensaxe de Cuchullin, pero a arrogante raíña non quería crer que un soldado do Ulster puidese enfrontarse el só a catro dos seus soldados. Fergus contestoulle que Cuchullin non era un guerreiro normal e avisouna de que en pouco tempo tería máis mostras da súa forza e destreza na guerra. Mentres Fergus falaba, Maeve acordouse da profecía de Fadelma, a muller do País das Fadas, sobre o mozo Cuchullin, que aniquilaría moitos dos Homes de Erín, e a arrogante raíña comezou a preocuparse. Pero non quería que Fergus se decatase de que lle tiña medo a Cuchullin, polo que chamou os seus capitáns para que seguisen a viaxe ó Ulster a marchas forzadas. Pensaba, deste xeito, deixar a Cuchullin detrás dela e somete-lo Ulster mentres o rei e os seus guerreiros seguisen enfermos. Así, a grande hoste dos Homes de Erín continuou a viaxe polo fragoso país e, ás veces, a neve chegaba ós cubos das rodas dos carros. Non importaba o rápido que fosen ou cánto tempo levasen andando, Cuchullin parecía estar sempre diante deles, ben no flanco dereito ben no esquerdo, eliminando os seus homes de dous en dous ou de tres en tres, matando os seus exploradores e atacando a retagarda. Ninguén puido velo nin unha soa vez, e todo o que oían del era o son da súa tirafonda lanzando unha pedra tras outra que zoaban no aire por enriba das súas cabezas durante toda a noite mentres intentaban durmir no campamento. Ó final, tanto os asustou que os exploradores non querían saír a non ser en grupo, e a mesma Maeve estaba moi nerviosa. Así, unha vez máis, Maeve mandou buscar a Fergus e ordenoulle que, mentres se reunían en asemblea, lle contase ós seus capitáns e a Ailell todo o que sabía deste guerreiro e das súas habilidades guerreiras. Mentres Fergus se dirixía ós cuarteis xerais na escuridade da noite invernal, ningún facho ou lume iluminaba o campamento dos Homes de Erín. Nin as letras de cancións nin o son do laúde daban indicios do exército en repouso. Tódalas entradas das tendas estaban pechadas e a penas se oían voces posto que todos sabían que fóra dos lindes do campamento se agochaba un inimigo perigoso que vixiaba para atacar. Ninguén podía dicir con certeza quén era nin con cántos guerreiros contaba, pero corrían un cento de rumores por todo o campamento sobre un enorme exército do Ulster que se estaba a aproximar ós Homes de Erín e que se estaba preparando para atacar. Maeve, nerviosa, estaba alí sentada cos seus soldados esperando oír o que Fergus lles ía contar. -Oímos contos estraños dun mozo guerreiro do Ulster famoso polas súas fazañas na guerra. ¿Podería ser que estea a dirixir unha tropa contra nós? -preguntoulle Ailell a Fergus, a quen sentou á súa man dereita. -Non ten máis tropa de guerreiros que el mesmo -contestou Fergus-. É el e ninguén máis o que está a causa-los estragos que están a sufrir hoxe os Homes de Erín, posto que ten a mesma forza, habilidade e ousadía que moitos homes. Cando tiña cinco anos, Setanta non tiña quen o igualase nos xogos ós que adoitaban xogar no Corpo de Rapaces de Conor. Ós sete, tomou as armas e matou tres homes o mesmo día de tomalas. Pouco despois, cruzou o mar para ir a Alba a estudia-la arte da guerra coa muller guerreira, Sgatha. Hoxe en día, ten dezasete anos e a forza e habilidade de dez homes. -Se é que se chamaba Setanta, ¿por que falan del como Cuchullin ou o Podengo de Culann? -preguntou Maeve. -Chamouse Setanta ata que cumpriu sete anos -contestou Fergus-. Daquela, e debido a unha mostra de forza guerreira que tivo lugar co podengo de Culann, o ferreiro do rei Conor, chamáronlle CuCulann dende entón. Sucedeu que o rei Conor, de camiño a un banquete de cervexa que Culann, o seu ferreiro, daba na súa honra, detívose a mira-lo Corpo de Rapaces que estaba a xogar un partido de hurling. O pequeno Setanta estaba a xogar el só contra un equipo de doce do Corpo de Rapaces. Ningunha pelota pasaba o pao de Setanta mentres estaba apostado entre os seus postes; nembargantes, moitas foron as pelotas que pasaron polos postes do Corpo de Rapaces. Mentres o rei miraba o partido, estaba tan encantado polo ben que xogaba o rapaz que o chamou para eloxialo e, para premialo, invitouno a ir ó banquete que Culann estaba a preparar. Setanta agradeceullo ó rei e prometeu seguilos cando acabase o partido. Logo Fergus contou cómo Conor foi cas Culann, onde o ferreiro o sentou no sitio de honra e tódolos seus Guerreiros da Póla Vermella sentaron con el por orde de rango e idade. Unha vez feito isto o ferreiro foi onda o rei e preguntoulle se xa chegaran tódolos seus guerreiros ou se esperaba alguén máis que o seguise ó banquete. O rei contestou que, efectivamente, xa chegaran todos, esquecendo por completo a invitación que lle dera ó cativo que tan ben xogaba ó hurling. -Daquela -dixo o ferreiro- podo ceiba-lo meu mellor can gardián e deixalo fóra para que vixíe os límites da miña propiedade. Ten a forza e a furia salvaxe de centos de cans normais e dez homes non son quen de burla-la súa vixilancia sen resultaren esnaquizados. -Céibao, por suposto -dixo Conor. Así que Culann ceibou o can, ordenou poñer comida e viño para os seus invitados e díxolles ós xograres e bardos que comezaran cos versos e cancións. Foi entón cando o pequeno Setanta, tendo gañado o partido contra o Corpo de Rapaces, ía andando polo campo golpeando a pelota diante del mentres camiñaba. Segundo o rapaz se ía acercando ás murallas do forte de Culann, o can fero, oíndo o son do pao de Setanta golpeando a pelota, ladrou e gruñiu dun xeito enxordecedor e, coas mandíbulas moi abertas, botouse a el para esnaquizalo. Na sala de banquetes, o rei e mailos invitados de Culann deixaron de falar ó oí-lo furioso ladrido do can e soltaron as copas de viño para escoitar. Logo o pánico apoderouse do rei porque sabía que debía de se-lo pequeno Setanta a quen o can sedento de sangue quería esnaquizar. Sen dicir unha palabra saíu a toda présa da sala cara ás murallas do forte de Culann, seguido de cerca por tódolos seus guerreiros coas espadas desenvaiñadas para protexe-lo seu rei. Alí, á luz do facho, estaba o rapaz co pao na man e o enorme podengo morto e sangrando ós seus pés posto que, cando o can gardián saltou sobre el, Setanta colleuno pola gorxa e esmagou os seus miolos contra a columna de pedra da porta. Conor e os seus guerreiros xuntáronse arredor do rapaz e levantárono en brazos, orgullosos da súa valentía, para levalo ó banquete; mais Setanta, ó volve-la vista atrás viu o ferreiro cabo do corpo do seu fiel can mirando tristemente para el e berroulle: -Hei buscar por todo o país ata que atope outro podengo para vostede tan bo coma este que acaba de perder. Entrementres, eu mesmo serei o voso podengo e gardarei da vosa casa e propiedades. E así, dende aquel momento, Conor bautizouno co nome de Cuchullin, ou o podengo de Culann, e ese é o nome polo que se coñece desde entón. -E así -continuou Fergus-, se un rapaz de sete anos foi quen de matar un can ó que non se poderían enfrontar menos de dez homes, é seguro que con dezasete pode facer tanto dano coma unha compañía de guerreiros contra os inimigos do Ulster. Logo, Cormac, fillo de Conor, rei do Ulster, que estaba exiliado con Fergus, contoulle a Maeve e Ailell máis sobre as fazañas de valor na infancia de Cuchullin. -A historia do día no que Cuchullin tomou as armas -dixo Cormac- é a historia máis marabillosa de todas. Cuchullin, o ano despois de consegui-lo seu nome, estaba sentado escoitando cómo Caffa, o druída, instruía os seus alumnos e segundo lles falaba dos bos e dos malos agoiros, dixo que determinados días eran favorables para certas fazañas e outros desfavorables para outras. -O día de hoxe -dixo Caffa- é favorable para que un mozo tome as armas por primeira vez; calquera que tome as armas hoxe será o campión máis grande que houbo xamais en Erín. A súa vida será efémera pero a loanza das súas fazañas estará en boca de todos. Despois, Cormac continuou contando cómo Cuchullin, ó oír isto, deixou a un lado o pao e a pelota, foi onda o rei e pediu que lle desen armas. O rei, para compracelo, deulle dúas lanzas, un escudo e unha espada coma as que gardaba para ensinarlles ó Corpo de Rapaces o uso das armas. Cuchullin colleunas e comezou a esgrimilas e a dobralas para proba-la súa forza, pero unha tras outra foron rompendo nas súas mans. Ante isto, o rei deulle armas máis fortes ó rapaz pero, de novo, rompeunas tan facilmente coma se fosen unha vara podre. -Estas son, maxestade, as armas dun guerreiro normal -dixo Cuchullin-, e non me valen. Entón o rei deulle armas especialmente temperadas e feitas para el. Estas non foi quen de rompelas. -Cólleas -dixo o rei-, traeranche a gloria e a fama. Daquela, Cuchullin subiu ó carro de Conor e ordenoulle ó cocheiro que o levase á fronteira en busca de fazañas de valor. Unha vez alí díxolle ó cocheiro que o levase á cima do outeiro máis alto que vise para poder contempla-lo país. Dende alí, o cocheiro sinaloulle os fortes e duns dos xefes máis importantes que vivían alí, e o último que lle ensinou foi o forte dos tres feroces fillos de Nechtan o Poderoso. -Dise -dixo o cocheiro- que os homes do Ulster que están vivos non son tantos coma os que morreron nas mans dos tres fillos de Nechtan. -Vou desafiar hoxe ós fillos de Nechtan -afirmou Cuchullin; subiu ó carro dun salto e ordenoulle ó cocheiro que o levase ó forte. -Só un guerreiro temerario iría ó forte de Nechtan -dixo o cocheiro. -De tódolos xeitos irei -replicou Cuchullin mandándolle que apurase. Cando chegaron ó forte dos tres feroces irmáns, Cuchullin baixou do carro dun salto e deu un golpe forte e atronador no mastro da insignia de combate. Logo Foill, o máis vello, saíu a toda présa do dun; cando viu un rapaz tan novo coma Cuchullin ante el aprestouse a volver ó dun, pero Cuchullin ordenoulle colle-las armas e desafiouno a loitar. Cando Foill volveu armado para a loita, Cuchullin colleu un proxectil de ferro temperado e, poñéndoo na súa tirafonda, lanzoullo. Antes de que Foill puidese dar un golpe, o proxectil entroulle pola fronte e atravesoulle limpamente o cranio, deixando morto o primeiro dos feroces fillos de Nechtan. A continuación, Cuchullin colleu a cabeza e atouna a lamia do seu carro. Logo, un tras outro, foron saíndo cada un dos irmáns e atacaron a Cuchullin, quen os matou e atou as súas cabezas á lamia do carro. Despois entrou no carro e, victorioso, emprendeu o camiño de volta a Emain Macha para agasalla-lo rei Conor coas cabezas dos seus tres inimigos máis implacables. -E agora, maxestade -díxolle Cormac a Maeve-, se un rapaz de case sete anos foi quen de levar a cabo estas fazañas, non é de estrañar que as súas fazañas sendo un guerreiro completamente adulto se limiten a obstaculiza-lo voso exército. -É certo -contestou Maeve. E de seguida chamou a Fergus, pediulle que fose onda Cuchullin e que acordase un encontro entre eles o día seguinte.
III. Cuchullin negocia con Maeve A noite despois de que Fergus lle falase a Maeve das fazañas de valor da infancia de Cuchullin que o fixeran un guerreiro famoso, Maeve sentou un pouco afastada dos demais na tenda para meditar sobre todo o que oíra e intentar decidir cómo podería tratar co adversario que estaba a dete-lo seu avance cara ó Ulster e a matar tantos dos seus guerreiros. Tamén tiña curiosidade por ve-lo mozo guerreiro cos seus propios ollos; así que decidiu falar ela mesma con el e non mandar a Fergus porque falaba de Cuchullin con demasiada loanza, amor e afecto; tamén con demasiado orgullo das súas habilidades guerreiras. Chamou a tódolos seus mensaxeiros e enviounos na noite pecha de inverno para que se deslizasen en segredo polo campamento e buscasen a Cuchullin na súa cabana. Cuchullin oíu os mensaxeiros e mandoulle recado a Maeve de que se reuniría con ela despois do amencer nun val fondo que había por alí preto. Unha hora despois do amencer, Maeve, acompañada de Ailell, foi ó val e, posto que Cuchullin xa estaba alí, dirixíronse á parte contraria á que el estaba para deixa-lo val entre eles durante a negociación. E así, comezou a conversa, e os mensaxeiros de Maeve estiveron a correr dun lado para outro coas ofertas de Maeve e as respostas de Cuchullin. Maeve comezou mandándolle a Cuchullin mensaxes aduladoras e cumprimentos; logo ofreceulle grandes extensións de terras en Connacht e a súa eterna amizade se abandonaba a causa do Ulster e do rei Conor e se pasaba ó seu lado e ó dos Homes de Erín. Cuchullin rexeitou as condicións, envioulle de volta os seus mensaxeiros e marchou do val, e case de inmediato comezou a ataca-las súas tropas máis ca nunca. Andou toda a noite polos lindes do campamento matando homes de un en un ou en grupos, tamén durante toda a noite zoaron pedras sobre as súas cabezas procedentes da tirafonda del, de modo que ninguén estaba a salvo no enorme campamento e ninguén puido pegar ollo, sobre todo Maeve. E, polo día, mentres seguían o seu camiño cara ó Ulster, Cuchullin estaba diante deles e, aínda que ninguén o podía ver, el seguía a matar homes de dous en dous e de tres en tres, polo que, ó final, calcúlase que cada día morría ás mans de Cuchullin un cento dos Homes de Erín. Unha tarde, mentres os homes andaban a levanta-lo campamento, Maeve estaba tomando o aire con algunha das súas doncelas no medio do campamento. Tiña sobre os ombros as súas mascotas: nun, o seu paxariño e no outro o seu esquío. Estaban a falar en voz moi baixa das últimas fazañas de Cuchullin contra eles; Maeve contaba cómo un día Cuchullin caera sobre algúns dos seus soldados que andaban a facer un sendeiro polo bosque e cómo os matara a todos, salvo a un, que regresou co conto. No medio da historia oíuse un zunido punzante por enriba das súas cabezas e mentres Maeve miraba arredor para saber de ónde viña, o seu paxaro caeu morto ós seus pés. Aterrada, botou a correr cara á súa tenda tan rápido como podía, pero antes de chegar outra pedra da tirafonda de Cuchullin golpeou o seu esquío, que caeu morto no chan diante dela mentres corría. Ó chegar á tenda Maeve mandou chamar a Fergus e pediulle que fose de contado onda Cuchullin e lle preguntase qué condicións aceptaría. Cando Cuchullin viu que Fergus se acercaba, saíu a recibilo. Os dous amigos abrazáronse e Cuchullin saudou a Fergus con gozo e alegría. -Benvido, Fergus, o meu amigo da infancia, o meu pai adoptivo e gardián -dixo Cuchullin; e invitouno a entrar no seu refuxio e ordenoulle a Laegh, o seu cocheiro, que lles trouxese comida e cervexa. Logo, Fergus faloulle a Cuchullin dos asuntos que tiña que tratar con el e pediulle perdón por se a súa visita lle parecía curta. -Porque -dixo Fergus- non me atrevo a quedar a falar contigo agora, meu querido fillo adoptivo, porque os Homes de Erín dubidan de min e se quedo aquí máis tempo do necesario pensarán que estou probando a miña traizón á súa causa e que chos estou entregando. Mais quero pedirche unha cousa con todo o amor e o afecto: que se en calquera momento nos topamos un contra o outro cara a cara na batalla, polo amor que me tes, dara-la volta e correrás diante da miña espada para que nunca me vexa obrigado a tinguila do sangue do meu fillo adoptivo e pupilo. Prométeo, Cuchullin. -De certo que son o teu fillo adoptivo e amigo -dixo Cuchullin- e quérote moitísimo, pero nunca lle dei as costas ós meus inimigos e non cho podo prometer; pero concedereiche algo mellor. -Fai o que che pido -continuou Fergus- e na última e máis importante batalla do Roubo, cando as hostes de Conor se teñan recuperado das súas dores, daquela fuxirei de ti de xeito que a túa honra quede, á fin, a salvo. -E eu gañarei un tanto para o Ulster -dixo Cuchullin-. Acepto e dou con gusto a miña palabra. Logo falaron da mensaxe que Maeve lle mandaba a Cuchullin, e Fergus preguntoulle qué condicións aceptaría para dete-lo continuo ataque ó exército de Maeve e permitirlles durmir tranquilos no campamento pola noite. Cuchullin contestou que Maeve non podería avanzar cara ó Ulster a marchas forzadas pero, a cambio, podería enviar cada día un campión para que loitase corpo a corpo con el e, mentres o combate durase, o seu exército podería avanzar, mais unha vez que morrese o campión deberían de parar ata o día seguinte. Daquela Fergus marchou e levoulle as condicións a Maeve quen, ó oílas, dixo: -É mellor que morra un home cada día que cen pola noite, aínda que ese único home sexa un campión. Ó principio Maeve cumpría as condicións e cada día enviaba un campión ó vao para que loitase corpo a corpo contra Cuchullin e mentres o campión resistía, o seu exército avanzaba. Pero o tempo que duraba incluso o seu mellor campión antes de que o matasen era tan curto que os Homes de Erín avanzaban moi pouco. E así, para evitar que o seu exército se detivese tan pronto, Maeve comezou a mandar un campión tras outro para manter ocupado a Cuchullin, de xeito que non paraba dende o amencer ata o anoitecer. Logo, vendo a cantidade dos seus homes que Cuchullin matara, infrinxiu tódalas condicións do acordo e enviou contra el cen guerreiros dunha vez. Cuchullin loitou contra os cen nun combate desesperado e defendeu o vao. Mataba dous ou tres ó mesmo tempo deixando os seus corpos en montóns arredor del no río, de xeito que dende aquela o lugar chamouse Ath Cro ou o Vao da Matanza. Canso e gravemente ferido, Cuchullin descansou aquela noite de pé apoiado na súa lanza sobre un montículo mirando para o campamento dos Homes de Erín. O seu cocheiro, Laegh, prendeu un lume e pediulle que descansase o que puidese porque desde que comezara o Roubo, había xa tres meses, Cuchullin non descansara nin de día nin de noite, só para botar curtas sestas mentres se apoiaba na súa lanza, a cabeza sobre o puño, o puño agarrando a lanza e a lanza apoiada no xeonllo. Cuchullin permanecía nesa postura xunto ó lume de Laegh e miraba para o campamento dos Homes de Erín. Mentres miraba vía o resplandor e o brillo de centos de armas brunidas relucindo no lume do enorme campamento que se estendía ó longo e ó ancho da grande chaira do Ulster. Vendo isto apoderouse del unha furia repentina, colleu dúas lanzas, o escudo e a espada ó mesmo tempo, brandiu a espada, golpeou o escudo ata que fixo un ruído enxordecedor e guindou a lanza. Despois abriu a boca todo o que puido e deu o "berro do heroe". Foi tan arrepiante que os demos do aire, os diaños, os trasnos e outros espíritos do val contestaron e encheron o aire cun horrible son. Loucos de terror, os Homes de Erín erguéronse nun caos absoluto, colleron as armas na escuridade, cheos de pánico botaron a correr cravándose nas propias lanzas e empuxáronse uns ós outros cegamente, de xeito que debido ó pánico e ó terror morreron no campamento cen guerreiros. Dende aquela, coñécese esa noite como A Grande Carnicería. Daquela, Maeve levou en segredo unha terceira parte do seu exército cara ó norte para busca-lo touro. Cuchullin seguiuna e atacou a súa retagarda durante moitas millas, pero tiña que regresar para defender Muirthemne, o seu propio país, do corpo principal dos Homes de Erín. Maeve e a súa compañía atoparon o touro nun val preto de Slieve Gullion e levárono ó sur xunto con quince xovencas para escondelo detrás do campamento dos Homes de Erín. Cuchullin foi onda eles e desafiou ó xefe dos vaqueiros a un combate corpo a corpo para recupera-lo touro. Pero mentres estaban a loitar, os outros vaqueiros levaron o touro ó campamento dos Homes de Erín. Perde-lo Touro Pardo debido ó engano e á falsidade dos vaqueiros, foi a meirande burla e traizón que soportou Cuchullin durante a guerra. Aquela noite volveu ó seu refuxio na ladeira e mirou para os Homes de Erín; estaba canso, gravemente ferido e moi triste porque o Touro Pardo do Ulster pasara ó territorio dos inimigos do Ulster. Mentres Cuchullin descansaba sobre a súa lanza, Laegh botou unha ollada sobre o campamento inimigo e viu un guerreiro solitario acercándoselles polo nordés, atravesou o campamento sen ningún impedimento e fíxoo en liña recta cara a onde estaban Cuchullin e mais el. -Un home de porte nobre e estraño vén cara a nós, pequeno Cu -dixo Laegh. -¿Como é? -preguntou Cuchullin. -É un home alto e atractivo que camiña orgulloso coma un deus -contestou Laegh-. Viste unha capa verde abrochada polo pescozo cun broche de prata e unha túnica de seda real bordada con ouro vermello. Leva un escudo negro cos bordes de bronce branco e na man ten unha lanza con cinco puntas e unha xavelina con punta dentada. Camiña polo grande campamento coma se ninguén puidese velo, posto que ninguén se fixa nel e el non lle presta atención a ninguén. -De certo que é un dos meus parentes encantados que vén para consolarme -dixo Cuchullin. E, en efecto, era Lugh o do Brazo Longo, o deus do sol e pai místico de Cuchullin, que viñera para cura-las feridas do campión con bálsamos curativos e para pedirlle que descansase. Acercándose, díxolle a Cuchullin: -Agora durme un pouco, Cuchullin, e mentres dormes eu curarei as túas feridas. Logo cantoulle unha canción doce e tranquilizadora e Cuchullin caeu nun sono profundo. Durmiu durante tres días, e o guerreiro do País das Fadas puxo herbas e aceites curativos nos seus cortes e feridas abertas, de xeito que mentres durmía curaron as súas feridas e talladas e volveulle todo o seu vigor. Pasados tres días, Cuchullin espertou e, sacudindo o sono, sentou e mirou a Lugh, que o estivera a coidar. Preguntoulle cánto tempo estivera alí deitado, durmindo, e se os Homes de Erín puideran entrar no Ulster sen que ninguén os atacase mentres el durmía. Lugh contestoulle que estivo a durmir tres días e que durante ese tempo o Corpo de Rapaces do Ulster veu do norte e que loitou tres veces co exército de Maeve matando tantos soldados dos Homes de Erín coma tres veces o seu propio número de homes. Entón Cuchullin preguntou cómo lles fora ó Corpo de Rapaces naquel combate. -Aínda que -contestou Lugh- mataron tantos soldados dos Homes de Erín coma tres veces o seu propio número de homes, o Corpo de Rapaces xa non existe. -É unha mágoa que non estivese eu alí con tódalas miñas forzas -dixo Cuchullin; logo, chamou a Laegh para que equipase o seu carro da cimitarra porque ía saír vinga-la destrucción do Corpo de Rapaces. A continuación Laegh enganchou os cabalos baixo o carro acoirazado e púxolles por enriba unha capa de ferro e cotas de malla bordadas con ouro que os cubría dende a fronte ata os cuartos dianteiros. Logo subiu ó carro cheo de dardos, lanzas e xavelinas de xeito que estaba cheo de puntas afiadas coma un ourizo xigante, fixo un feitizo de invisibilidade sobre si mesmo e os cabalos. Despois, Cuchullin ergueuse e ataviouse cun traxe especial de guerra, colleu as armas e foi con Laegh ó campamento dos Homes de Erín. Ó primeiro ordenoulle a Laegh que fixese un amplo círculo arredor do campamento inimigo, e despois ordenoulle que pasase polas súas filas; e mentres pasaba segounos coma gran maduro, deixando os seus corpos en longas ringleiras a ámbolos dous lados do carro. Deste xeito deu tres voltas arredor dos seus inimigos, e tres veces máis volveu, matando cans, cabalos e homes e deixándoos en grandes montóns detrás del. Para Cuchullin todos eran un só na Gran Derrota da Chaira de Muirthemne cando vingou os mozos do Ulster nos homes das catro provincias de Erín.
IV. A loita con Ferdia Daquela había no exército de Maeve un guerreiro que igualaba a Cuchullin en valor e habilidades guerreiras: Ferdia, fillo de Damon. Estes dous heroes foron amigos e compañeiros durante moito tempo posto que aprenderan a arte da guerra con Sgatha, a muller guerreira da Illa de Skye. Estiveron alí ata que se fixeron homes e despois correron xuntos moitas aventuras en países afastados (selaron con sangue a súa estima e amizade en moitos combates perigosos). Daquela, Ferdia era un home de Connacht e cando Maeve chamara ás armas para loitar contra o Ulster, Ferdia acudira con tódolos seus soldados para unirse ó exército dela. Mais cando foi cos Homes de Erín ó Desfiladeiro do Norte descubriu que o seu compañeiro da infancia, Cuchullin, estaba el só a defende-lo seu país contra todo o exército de Maeve e decidiu non tomar parte nun combate tan desigual. Deste xeito, quedou na súa cabana e díxolles ós seus homes que acampasen polas noites nos límites do campamento, tan lonxe como puidesen dos cuarteis da raíña Maeve e do rei Ailell. Pensaba que se estaba fóra da vista de Maeve esta non o chamaría para ir loitar corpo a corpo contra Cuchullin. Tamén adoitaba mandar mensaxeiros secretos tódolos días para que vixiasen a Cuchullin mentres loitaba contra os guerreiros que lle enviaba Maeve, esperando que non lle ocorrese ningún mal e poder axudalo se o combate se poñía demasiado difícil. Cada tarde, cando os seus mensaxeiros volvían con novas do valor e das victorias de Cuchullin, Ferdia alegrábase polo seu compañeiro. Mentres se sucedían os combates e Cuchullin seguía a mata-los seus campións un a un, Maeve comezaba a ter dificultades para convence-los seus guerreiros de que se enfrontasen a el. Finalmente, un día chamou o seu consello de sabios e capitáns para preguntarlles se había algún home no exército que se puidese enfrontar a Cuchullin. -¿Por que non envías a Ferdia, fillo de Damon? -dixeron os seus homes máis importantes, todos de acordo. Aseguráronlle que Ferdia era igual a Cuchullin, tanto pola súa valentía como polas súas fazañas de valor. -Foron adestrados na mesma escola e teñen as mesmas habilidades e coñecementos. -É unha boa opción -contestou Maeve-. Irá Ferdia. Chamou un mensaxeiro e mandouno ir á tenda de Ferdia para que lle dixese que a Ailell e a ela lles gustaría que se presentase nos seus cuarteis reais. Cando Ferdia viu o mensaxeiro diante da súa tenda, soubo que estaba a punto de ocorrer aquilo que máis temía, polo que mandou o mensaxeiro de volta. Ante isto, Maeve ordenoulles de contado ós seus druídas e bardos que fixesen versos burlóns e que os cantasen ante Ferdia, para menosprezalo e deshonralo diante do seu séquito e dos Homes de Erín, que o desprezarían o resto da súa vida. Ó oí-las sátiras que se estaban a cantar diante da súa tenda, Ferdia avergonzouse moito e decidiu ir ós cuarteis de Ailell e Maeve. Ó ver que se acercaba, Maeve saíu a recibilo con toda a honra que merece un gran guerreiro. Convocou os seus capitáns e homes máis importantes e ordenou que se celebrase un banquete na honra de Ferdia e, cando sentaron tódolos invitados, Maeve colocou a Ferdia á súa man dereita. A continuación sentou a Finnebar, a súa filla, ó lado de Ferdia e ordenoulle mante-la copa do heroe chea e que a enchese ela mesma cos viños máis selectos. Despois de enche-la copa unhas cantas veces, Maeve comezou a adular a Ferdia e a falar das súas importantes fazañas de valor, tan coñecidas por todos en todo o mundo. Logo ofreceulle grandes recompensas: concedeulle terras, a súa eterna amizade e a súa filla, Finnebar, en matrimonio se loitaba contra o destructor da súa hoste, Cuchullin. Cando os invitados oíron todo o que Maeve ofrecía como recompensa, exclamaron asombrados ante a súa xenerosidade, todos excepto Ferdia, que permaneceu en silencio. Todos miraron para el para oí-la súa resposta á oferta da raíña e, mentres estaba de pé, Finnebar encheu unha vez máis a súa copa e, dándolle un bico, deulla cun sorriso. Ferdia permaneceu de pé, confundido polos eloxios e a xenerosidade e polo banquete celebrado na súa honra, e preocupado pola lembranza da súa estima por Cuchullin e polo recordo da súa mocidade no país das sombras. E así, mirando a Maeve que, xunto cos seus homes máis importantes, esperaba ansiosa, a súa resposta, dixo: -Os vosos agasallos son, de certo, grandes e xenerosos, maxestade; pero nunca os aceptarei se o seu prezo é o de loitar co meu irmán adoptivo, o home da miña estima e afecto, Cuchullin. E a continuación recitou un poema no que cantaba os lazos que os unían:
-Agora paréceme certo o que Cuchullin dixo de Ferdia. -¿Que é o que Cuchullin dixo de min? -preguntou Ferdia. -Dixo que eras bastante sensato para non loitar corpo a corpo contra el -contestou Maeve. Daquela, Ferdia, encolerizado, dixo: -Non é propio de Cuchullin falar así de min. Non pode dicir que viu algunha vez en min asomo de covardía nin falta de valor en todo o tempo que pasamos xuntos. Xuro polas miñas armas de valor que serei o primeiro en ofrecerlle combate mañá ó amencer, aínda que non o quero facer. Logo, triste e en silencio, Ferdia dirixiuse ó seu cuartel. Aquela noite non se oíron música nin cancións no séquito de Ferdia, e ninguén falaba, a non ser en murmurios, mentres que, preocupados, vían o seu xefe volver do banquete de Maeve. Sabían que Cuchullin era tan valente e hábil coma Ferdia; tamén sabían que cando dous guerreiros coma eles se enfrontaban, un deles tiña que morrer. Ferdia descansou ata o amencer e logo pediu que preparasen o seu carro porque quería ir cedo ó vao e estar alí antes ca Cuchullin. O seu cocheiro levou os cabalos, xunguiunos ó carro e logo acercouse a Ferdia para intentar persuadilo de que loitase contra Cuchullin. Ferdia contestoulle que non desexaba loitar co seu irmán adoptivo pero que, posto que lle dera a súa palabra a Ailell e Maeve, estaba disposto a mantela. Así, moi entristecido e anoxado polo que estaba obrigado a facer, deu unha volta ó campamento dos Homes de Erín e, alzando a voz, berrou: -Abofé que prefiro morrer ás mans de Cuchullin a que el morra ás miñas; de morrer el hoxe ás miñas mans, daquela, Maeve e moitos dos Homes de Erín caerán tamén, debido á promesa que me arrincaron cando estaba bébedo e chispo. Logo subiu ó carro e foi ó vao do combate. Ó chegar ordenoulle ó cocheiro que puxese as lanzas do carro sobre a súa cabeza e que deixase os abrigos sobre elas. Despois puxo coxíns e mantas no chan para poder durmir alí ata que chegase Cuchullin. Mentres Ferdia durmía no vao, Fergus abandonou o campamento dos Homes de Erín e foi onda Cuchullin para avisalo de que era Ferdia, o seu amigo e igual en fazañas guerreiras, con quen ía loitar ó día seguinte. -Pola miña alma -dixo Cuchullin ó oír isto-, non é este o encontro que desexaría co meu amigo, non por medo, senón pola estima e afecto que lle teño. Preferiría morrer ás mans deste guerreiro a que el morrese ás miñas. Logo, Cuchullin botouse a descansar; e aquel día non se ergueu cedo por medo a que os Homes de Erín dixesen que se erguera cedo porque lle tiña medo a Ferdia. O sol estaba alto no ceo cando subiu ó carro para ir ó vao. Ferdia xa estaba de pé na parte sur do río esperando, cando Cuchullin chegou ó vao. Cando baixou do carro, Ferdia deulle a benvida. -Ah, Ferdia -dixo Cuchullin tristemente-, ata o de agora a túa benvida foi sincera, pero non vou confiar máis nela posto que renunciaches á nosa amizade polas falsas promesas dunha muller traizoeira. Profundamente ferido ó ver que Cuchullin o reprendía, berrou: -Levamos moito tempo intercambiando palabras; agora deixemos que as armas falen por nós. E así, indo un cara ó outro, comezaron a guinda-las súas lanzas pequenas, ían cara a adiante e cara a atrás coma abellas co sol dándolles nas ás nun agradable día de verán. Estiveron a loitar todo o día, cambiando as armas de vez en cando; tan iguais eran as súas habilidades en ataque e defensa que ningunha das súas armas estaba tinguida de vermello cando, ó anoitecer, decidiron deixa-lo combate por ese día. Logo, lanzándolles por detrás deles as armas ós cocheiros, os dous guerreiros foron un cara ó outro e, abrazándose, bicáronse tres veces cun afecto fraternal. Despois, os cocheiros fixeron para cada un dos guerreiros unha cama de xuncos frescos con almofadas. Das moradas encantadas de Erín chegaron mensaxeiros especiais con herbas curativas e remedios e puxéronos nos membros magoados de Cuchullin. De cada herba e apócema que recibía, Cuchullin mandáballe unha parte a Ferdia. E os Homes de Erín leváronlle a Ferdia comida e bebida de tódalas clases, e de cada comida e bebida que recibía, Ferdia mandáballe unha porción a Cuchullin. Aquela noite ataron xuntos os cabalos e os dous cocheiros sentaron arredor do mesmo lume. O día seguinte ó amencer volveron retoma-la loita. Esta vez loitaron dende os carros coas lanzas grandes. Durante todo o día estiveron a dar e a recibir golpes fortes ata que chegou a noite e decidiron parar de novo. Esta vez, os seus corpos tiñan tantas feridas e estaban tan esmagados que se dicía que os paxaros podían pasar voando a través das feridas. Igual que a primeira noite, cando deixaron de loitar puxeron a un lado as armas e abrazáronse no medio do vao. Aquela noite tamén se enviaron un ó outro comida e menciñas, ataron xuntos os cabalos e os seus cocheiros compartiron o mesmo lume. Cando se atoparon á mañá seguinte para comezaren a loitar unha vez máis, Cuchullin, nada máis ver a Ferdia, deuse conta de que sufrira un cambio: a súa mirada era melancólica, xa non parecía capaz de manterse ergueito, cando camiñaba arrastraba os pés e os seus pasos eran lentos. Ó velo, a tristeza apoderouse de Cuchullin. Cruzou o vao de contado e dirixiuse a Ferdia; lembroulle de novo que unha vez foran amigos e a grande estima que se tiñan e pediulle que abandonase a loita. Mais Ferdia baixou a cabeza para non mirar a Cuchullin e respondeu tristemente que non podía rompe-la promesa que lle fixera a Maeve. E así, decidiron qué armas ían usar ese día e seguiron loitando. Estiveron todo o día a lanzar estocadas e a paralas, a cortar e a ferir nun silencio lúgubre ata que ó caer da tarde pararon. Tristes e en silencio botaron a un lado as armas e cada un deles, sen dicirlle unha palabra ó outro, buscou a súa parte do vao. Desta vez a separación foi lúgubre, sen unha soa palabra de afecto nin de despedida. Aquela noite non ataron xuntos os cabalos e cada un dos cocheiros fixo un lume. Tampouco intercambiaron palabras nin mensaxes entre eles durante toda a noite. Á mañá seguinte, Ferdia ergueuse cedo e puxo o traxe de guerra, con moitas capas de coiro groso e unha coiraza de ferro, que tiña o propósito de protexe-lo seu corpo da temida lanza de púas, a Gae Bulga, a arma máis famosa de Cuchullin. Logo apareceu Cuchullin e comezou a loita. Estiveron a loitar feramente todo o día; tan fortes eran os golpes que daban, que os escudos dobraron pola metade; tanto era o ruído, que os mesmos demos do aire berraban e gritaban co medo sobre as súas cabezas; as súas pisadas eran tan violentas, que o río saíu do seu curso e baixo os seus pés non quedaba unha soa gota de auga no seu leito. Cara á tarde, Ferdia, collendo desprevido a Cuchullin por un momento, cravoulle a espada ata o fondo, e o sangue comezou a correr coma un regato polo vao. Antes de que se dese recuperado, Ferdia pasou dúas veces máis a súa espada con golpes rápidos e fortes polo seu peito. Foi daquela cando Cuchullin chamou a Laegh para que collese a Gae Bulga. Este apuntou con coidado e lanzouna atravesando a coiraza de ferro, tódalas capas e a armadura protectora ata que cravou as súas puntas mortais na pel. -Por fin, chegou o final, Cuchullin -dixo Ferdia, e caeu ó chan. Ó ver a Ferdia caer, Cuchullin tirou as súas armas e correu cara a el. Inclinouse sobre el, colleuno nos seus brazos con tenrura e tristeza e cruzou con el o vao para poder deitalo na parte norte con el, e non na parte sur cos Homes de Erín. Alí, axeonllouse ó lado do seu amigo e comezou a chorar desconsoladamente sobre el. Moi triste e esquecendo calquera perigo, Cuchullin estivo a chorar sobre o seu compañeiro Ferdia ata que Laegh, o seu cocheiro, lle dixo que era mellor que abandonase o vao antes de que os Homes de Erín viñesen en grupo e o atacasen. Daquela, erguendo a cabeza lentamente, mirou para Laegh e dixo con voz triste e suave: -Meu amigo Laegh, quero que saibas que tódolos combates e loitas que tiven ata o de agora foron un xogo comparado coa loita que tiven con Ferdia. A continuación recitou un poema sobre a cabeza do seu amigo.
V. O Ulster esperta Despois do combate con Ferdia, Cuchullin deitouse no seu refuxio moi ferido e débil, tanto física como psiquicamente. Abandonárano as forzas e sabía que xa non era quen de evitar que os Homes de Erín invadisen o Ulster. Daquela, o pai de Cuchullin, Sualtach, soubo da lamentable condición do seu fillo e foi cara ó sur para axudalo; ó ver a Cuchullin cheo de feridas e mancaduras, comezou a chorar e a lamentarse por el, mais Cuchullin pediulle que deixase de lamentarse e que fose de contado onda o rei Conor para pedirlle que viñese cos seus homes para expulsa-los Homes de Erín das súas terras, posto que el xa non era quen de retelos sen axuda. -Estou só -dixo-, loitando contra as catro provincias de Erín, matando un home no vao cada día e cen guerreiros pola noite. Non me garanten un combate xusto nin un combate corpo a corpo, e ninguén me vén axudar ou a socorrer. As pólas sosteñen a miña capa enriba de min e teño emplastos secos de herba nas feridas. Sualtach, ante a petición do seu fillo, colleu un dos cabalos do carro, o Gris de Macha, e púxose camiño do palacio real de Conor en Emain para levárlle-las novas do Ulster e ergue-los seus guerreiros. Ó chegar a Emain Macha deu unhas voltas arredor das murallas exteriores do dun real chamando ás armas a berros: -No Ulster están a matar homes e a levar mulleres e gando. Erguédevos, homes do Ulster, e salvade as vosas terras. Deu tres voltas arredor das murallas dando a alarma a berros, pero non houbo indicio ningún de persoa viva no palacio real que respondese á súa chamada, e a Sala dos Cabaleiros da Póla Vermella estaba tan silenciosa coma unha tumba. Ningún guerreiro botou unha ollada para fóra, e non había ningunha sentinela gardando a porta do palacio. Dentro do forte, os guerreiros, amoreados, durmían profundamente, algúns no chan e outros aínda sentados á mesa do banquete, coas armas botadas ó seu arredor, enferruxadas e sen brillo por falta de uso. Sualtach recorreu as salas e corredores dando a alarma, pero non se moveu ningún guerreiro, de non ser para queixarse coma se tivese dor. A única resposta que obtivo foi o eco baleiro das trabes. Levado do demo porque non conseguía que ninguén lle fixese caso, virou o cabalo rapidamente pensando en volver onda Cuchullin. Como estaba tan impaciente, tirou moi forte das bridas, e Gris de Macha ergueuse de repente, tropezou cun guerreiro que durmía e lanzou a Sualtach sobre o pescozo. A cabeza de Sualtach golpeou bruscamente contra o borde do seu escudo, e separouse limpamente do seu corpo. Mentres que o corpo sen vida quedou sobre o pescozo do cabalo, a cabeza caeu ó chan, e dende alí, no po, aínda seguía a avisar ó rei e ós guerreiros do Ulster: -Os Homes de Erín están a mata-las vosas mulleres, a leva-lo voso gando e a queima-los vosos cabalos. Erguédevos, homes do Ulster, e expulsádeos das vosas terras. Ó cabo de moitas horas, o berro constante da cabeza deu entrado no sono de pesadelo do rei, que abriu os ollos e mirou para ela. -Esa cabeza é demasiado ruidosa, poñédea na columna do cuarto para que descanse -refungou, e volveuse ensumir nun sono profundo. Un guerreiro que estaba deitado preto do rei oíu a orde real, ergueuse para cumpri-la orde e depositou a cabeza no alto dunha columna que había no centro do cuarto, e tamén volveu durmir. Mais os berros fóronse facendo cada vez máis fortes dende o alto da columna ata que, finalmente, un guerreiro ergueuse un pouco e escoitou, e mentres escoitaba os berros entolecidos, viu o corpo decapitado de Sualtach a carranchas do cabalo o cal, aterrado, aínda estaba inmóbil no medio do cuarto; e o guerreiro botou a rir dun xeito estrepitoso e salvaxe. Mentres ría, a cabeza berraba máis forte ca nunca, ata que o palacio se encheu dun son salvaxe e bárbaro. Daquela espertou o rei e, ó oí-la cabeza, ergueuse dun salto e xurou: -Xuro que, a non ser que os ceos coas súas choivas de estrelas caian ó chan, ou que o cruzado océano bordeado de azul rompa sobre o cumio rochoso da terra, hei devolver tódalas vacas á súa corte e tódalas mulleres ó seu fogar. Logo espertou os guerreiros que estaban ó seu arredor, chamou ós seus capitáns e enviou ós seus mensaxeiros en tódalas direccións para que reunisen os homes do Ulster e lles ordenasen forma-las súas hostes e estaren dispostos para marchar cara ó sur contra os Homes de Erín. Cando os exploradores de Maeve lle levaron novas de que os ultonianos se estaban a preparar para loitar contra o seu exército, Maeve enviou a Mac Roth, o heraldo, para que escudriñase a grande chaira de Meath en busca de calquera indicio da marcha do exército do Ulster contra ela e, de haber tal marcha, ordenoulle que indagase cántos eran. Mentres Mac Roth vixiaba a Chaira de Meath viu unha néboa gris e mesta que cubría os vales e valgadas e que se elevaba coma un manto no aire, cubrindo cun veo o espacio entre a terra e o ceo. Parecíalle que os outeiros eran illas nun lago, que se elevaban por enriba dos vales da néboa; logo viu cavernas grandes e profundas saíndo na néboa e nevadas con folerpas brancas. Tamén viu o que pensou que era unha bandada de paxaros brancos e negros voando e revoando dentro das cavernas cheas de néboa e arredor delas, e o refulxir de estrelas brillantes, escintilando e resplandecendo coma nunha noite de xeada. Despois oíu moitos ruídos tumultuosos coma o ímpeto dun cento de torrentes de montaña, o estrondo dun lóstrego entre outeiros altos, a azouta dun mar poderoso sobre unha praia de cantos e o bruar e o ímpeto dun vento forte. Cando Mac Roth lle levou estas novas, Maev, que se preguntaba o que poderían augurar, mandou buscar a Fergus Mac Roy. -A néboa mesta e gris que cubría os vales e fondais -dixo Fergus- era a respiración axitada dos cabalos e dos homes do exército de Conor, que veñen a toda présa cara ó sur para bota-los Homes de Erín do Ulster; as illas nos lagos eran as cabezas dos heroes sobre a respiración dos cabalos; as cavernas grandes e profundas saíndo na néboa eran os fociños moi abertos dos cabalos que inhalan e exhalan o vento dun xeito moi rápido debido á gran velocidade que levan; a bandada de paxaros que viu Mac Roth -continuou- non eran senón terróns de terra e céspede, levantados polos cascos dos cabalos a galope que se apresuran para destruí-los Homes de Erín. -¿E as folerpas de neve das que fala? -preguntou Ailell. -Son os escumallos que saen dos bocados das bridas dos seus fortes corceis; e as estrelas escintilando na néboa coma se fose unha noite de xeada eran os ollos dos guerreiros do Ulster, vermellos de ira e rabia mentres se apresuran para tinguir de vermello as súas espadas co sangue dos seus inimigos; e o tumulto de ruídos -continuou- era o chocar dos escudos, o renxer das lanzas, o ruído dos cascos, o son metálico dos petos, a tensión das cordas, o rinchar das rodas, as pegadas dos cabalos, o choqueleo dos carros e o impresionante grito de guerra dos Guerreiros da Póla Vermella, feros, terribles e sedentos de sangue, apurando para elimina-los Homes de Erín. -Non lle damos moita importancia -contestou Maeve con moita calma-. Agardámolos con bos guerreiros e combatentes. -Necesitarédelos -dixo Fergus-, pois que non existe nin en Erín nin en Alba nada que poida calma-lo Ulster unha vez que prendeu a súa furia. Daquela, en oíndo que os exércitos do Ulster se estaban a xuntar no Outeiro de Slane, en Meath, Maeve enviou de novo a Mac Roth alí para que lle dixese cántos eran. O heraldo volveu pronto dicindo que había unha grande hoste que entraba en tropel e que tomaba posicións no Outeiro de Slane. -Dende que saíu o primeiro raio de sol ata o crepúsculo, non se viu a terra baixo eles nin unha soa vez -díxolle. Falou de tropas de guerreiros, cada unha baixo o mando do seu líder e co seu colorido traxe de batalla; falou de tropas de druídas quen, mentres marchaban, mantiñan a mirada posta no ceo, mirando as nubes e facendo feitizos para poñer en guerra os elementos contra os seus inimigos. Falou de tropas de médicos baixo o mando de Finghin o Médico; todos tiñan unha vestimenta especial e levaban na cintura unha bolsa pequena con menciñas e instrumentos cirúrxicos. Maeve tiña a Finghin por un doutor intelixente e estudiado, posto que se dicía que só necesitaba ve-lo fume que saía da cheminea da casa dun home enfermo para dicir cál era a súa doenza. Despois falou dunha compañía con armaduras tan pesadas que parecían castelos sobre rodas, e con armas coñecidas como as "rodas da batalla". Contoulles que as rodas pasaran a través das filas inimigas, facendo que se rompesen e que botasen a correr en desorde. Todo o tempo que o heraldo lles estivo a falar a Maeve e a Ailell das hostes do Ulster que se estaban a reunir no Outeiro de Slane, Cuchullin estivo deitado na súa cama, á que o ataran con cordas Laegh e algúns dos Homes do Ulster para mante-lo fóra do combate ata que sandasen as súas feridas. Ó oírlle dicir a Laegh que os Homes do Ulster se estaban a acercar, Cuchullin pediulle que fose onda eles con mensaxes súas para que os provocase contra os Homes de Erín ata enfurecelos. Laegh fixo o que Cuchullin lle ordenara, e tan ben os provocou, contándolles que Cuchullin defendera el só o Ulster e que Maeve o traizoara, que moitos deles se ergueron aínda espidos e colleron as armas para loitar de inmediato contra o exército de Maeve. Dise que ós que a porta da tenda lles daba cara ó leste, romperon a tenda para saír polo norte, porque non tiñan tempo de da-la volta. Xusto entón, os druídas e magos de Conor proclamaron que chegara o momento de sorte do Ulster, co sol completamente alto e inundando as valgadas e os vales coa súa luz brillante e amarela. Así, brandindo moitas armas e dando arrepiantes gritos de guerra, os Homes do Ulster foron loitar contra os Homes de Erín. Daquela, Maeve pediu o seu carro e coas armas na man, a diadema dourada na cabeza e o cabelo cor do mel ondeando detrás súa, a magnífica raíña saíu orgullosa á cabeza do seu exército para enfrontarse ós ultonianos. Fergus, Ailell e Maeve foron xuntos ó groso da batalla para anima-los Homes de Erín e para dirixi-lo ataque. Fixeron retroceder tres veces ós Homes do Ulster, pero estes recuperáronse de cada vez e, ó final, resistiron o ataque de Maeve e Ailell, que dirixían un ataque feroz contra eles. Entón entrou Conor en campaña para ver por el mesmo por qué estaban a retrocede-los seus homes. Xa na batalla atopouse cara a cara con Fergus, o seu maior inimigo, a quen lle arrebatara o reino e ó que, debido á súa traizón ós Fillos de Usnach, obrigou a exiliarse. Fergus permaneceu fronte ó seu vello inimigo e deu tres golpes fortes no escudo de Conor. Como o escudo sempre berraba cando o seu dono estaba en perigo, comezaron a aparecer homes por tódalas esquinas para protexe-lo seu rei. Mais Fergus volveu levanta-la espada, esta vez coas dúas mans, preparado para asestar un golpe forte (e forte había de ser posto que a espada de Fergus procedía do País das Fadas e cando se erguía para dar un golpe facíase tan longa coma o arco da vella e dicíase que nunca deixaba nada entremedias). Daquela, o fillo de Conor, Cormac, que se exiliara con Fergus e que estaba a loitar ese día cos Homes de Erín, viu que Fergus levantaba a espada para golpear ó seu pai, suxeitoulle os brazos por detrás e pediulle que non o golpease, senón que se virase e que, no seu lugar, lles dese ós tres outeiros que estaban á súa esquerda. Entón, Fergus apartouse de Conor e dun golpe rápido cortou as cabezas dos tres montículos, e dende aquela coñécense os outeiros co nome de Os tres outeiros sen cumio de Meath. Cuchullin, ó oír berra-lo escudo de Conor, retorcíase con furia na súa cama mentres intentaba soltarse das ataduras que lle puxeran Laegh e os ultonianos. Logo, dando un salto brusco rompeu as ataduras e lanzounas polo aire ata que aterraron a setenta millas en Connacht, as abrazadeiras desprendéronse e aterraron en Corcumraud, en Clare, e as férulas aterraron no Ulster. Despois abríronselle as feridas e comezou a sangrar de novo. Ergueuse da cama e buscou as súas armas para ir axudar a Conor, pero non as puido atopar. Colleu os restos do seu carro, que crebara e se estragara na loita con Ferdia, botouno ós ombros e saíu a loitar contra os Homes de Erín. Dirixiuse ó groso da batalla, golpeando con violencia a calquera que se puxese no seu camiño e empuxando a xente; mentres andaba, chamaba a berros a Fergus Mac Roy para que fose onda el e se lle enfrontase. -Ven e enfróntate a min -berrou-; xuro que se non o fas heite moer a paos como o muíño moe o gran fresco, heite lavar como se lava unha copa nunha tina, heite atar como a madreselva ata a árbore, caerei sobre ti como o falcón cae sobre os paxariños, pasarei por enriba de ti como o rabo pasa por enriba do gato e esmagareite como as ondas esmagan o peixe na area. Fergus pegou a volta e preguntou quén era o que ousaba falarlle con palabras tan altisonantes. -Son eu, ó Fergus -dixo Cuchullin, e logo lembroulle o seu acordo de non loitar un contra o outro: -Prometiches fuxir de min cando estivese ferido, en charcos de sangue e derrotado na batalla do Tain; de non tére-la espada contigo, fuxiría de ti. Fergus cumpriu a súa promesa e, pegando a volta, fixo que fuxía de Cuchullin e, á vez que el retrocedía, retrocederon con el os tres mil homes de Leinster que formaban a súa compañía. Ó velos, tamén se retiraron os homes de Munster e logo tódolos Homes de Erín romperon filas e fuxiron cara ó oeste ó outro lado dos outeiros. Só a compañía de Ailell e Maeve defendía o seu territorio. Era mediodía cando Cuchullin foi loitar, e cando o sol pálido de inverno seguía os homes de Connacht ó oeste por detrás do outeiro, a última compañía do exército de Maeve fuxía del e dos ultonianos. Maeve, xunto cunha compañía elixida de entre os seus mellores guerreiros, cerraba a marcha e loitaba na retagarda ata que lle chegaron novas de que o Touro Pardo de Cooley, o que xa enviara diante, estaba a salvo no outro lado do Shannon, en Connacht. Cuchullin estaba na parte de Leinster do poderoso río Shannon vixiando os últimos soldados do exército en retirada de Maeve, e o seu ollo pousábase nos tres cumios dos outeiros que estaban na parte do río que daba a Connacht. Chamou a Laegh para que lle trouxese a súa famosa espada Punta de aceiro e levantouna ata que a súa punta lle tocou ó chan por detrás del, con toda a súa forza deu un golpe fortísimo e cortoulle o cumio ós tres outeiros, e dende aquel día coñécense co nome de Os Maolain de Athlone ou Os Cumios Chans de Athlone. Así, dende aquela, se alguén do oeste falaba con reproche de Os Tres Cumios Nus de Meath, a resposta do Ulster sería Os Tres outeiros Sen Cumio de Athlone.
VI. A loita dos touros A noite antes de que os Homes de Erín fuxisen de Conor e dos Homes do Ulster, Maeve enviou por seguridade o Touro Pardo a Connacht. Na escuridade da noite, e en segredo, puxéronse en camiño un grupo escollido de vaqueiros e unha pequena compañía de guerreiros que levaron o touro e quince xovencas ó oeste por carreiros pouco coñecidos e por camiños encubertos. Xa cruzaran o Shannon cando comezaba a amencer, e cando o sol raiaba no ceo o Touro Pardo de Cooley viu diante del o país salvaxe e sen camiños, botou a testa para atrás, ben con ledicia pola beleza ben con entusiasmo pola novidade, e soltou un brado que retumbou coma un lóstrego que atravesaba Connacht. O Touro de Cornos Brancos de Ailell, ó oí-lo brado, deixou de pacer e ergueu a testa para escoitar pois que ata aquel momento ningún outro touro ousara emitir un son que fose un pouco máis alto có sinxelo e apático "mu" dunha vaca leiteira que podía estar aloumiñando o seu cuxo. O Touro Pardo volveu bramar. O de Cornos Brancos levantou o céspede que estaba baixo del, sacudiu a testa enfadado e foi a galope ó Royal Cruachan para saber qué touro ou vaca ousaba erguer tanto a voz. Cando os homes da casa de Maeve viron aparece-lo touro nas murallas, bufando e dándolle poutadas ó chan, souberon que estaba preparado para loitar co Pardo, así que nomearon a Briciu xuíz da loita. Briciu era famoso polas súas pelexas e como alguén sempre disposto a armar pelexa entre outros; o seu lema era "pelexar é mellor que estar só". Tamén se dicía del que non era leal a ninguén e que non era máis leal a un amigo que a un inimigo. A mañá na que ían pelexar os touros, os Homes de Erín levaron o Touro Pardo á Chaira de Ai e buscaron outeiros e montañas dende onde mira-la pelexa entre os touros. Cando os touros se viron detivéronse e levantaron o chan cos seus enormes pezuños lanzando tantos e tan grandes anacos de céspede sobre o lombo, que o día quedou escuro e negro coma un lóstrego. Os seus ollos ardían coma bólas de lume mentres se miraban un ó outro, e os seus fociños estaban tan inchados e arquexantes coma os foles dunha ferrería. Logo, botaron a correr un cara ó outro e comezaron a darse cornadas e a golpearse na testa. O ruído seco dunha fronte golpeando a outra soaba coma un lóstrego brusco entre montañas altas. Despois, o de Cornos Brancos afundiu os seus nun costado do Touro Pardo, pero este deuse separado e perseguiu ó de Cornos Brancos; como Briciu estaba no medio deles, tirárono ó chan e enterrárono uns nove metros baixo terra. Así botaron todo o día os touros a dárense golpes e cornadas, e a perseguírense, ata que escureceu. Daquela, os Homes de Erín xa non podían ver, pero podían oí-lo bufidos e arquexos, as pegadas e os brados dos entolecidos touros mentres loitaban toda a noite por todo o país de Erín. Foron ó norte, ó sur, ó leste e ó oeste e todo o país soaba cos seus e bufidos e brados; e, dende aquela, onde hai unha Parada dos Touros, un Burato dos Touros, unha Lomba dos Touros ou un Cerco dos Touros é porque aquela noite na que o Touro Pardo de Cooley e o Touro de Cornos Brancos de Connacht estiveron a loitar por toda Irlanda. Á mañá seguinte, coa primeira luz do día, os Homes de Erín, que estiveran a esperar en Rath Cruachan con Ailell e Maeve, viron que un dos touros subía polas murallas do rath real (forte real) e que levaba unha res morta nos cornos. Os Homes de Erín erguéronse para ver cál era o touro que tiña a victoria; Fergus berrou: -Sexa cal sexa, deixádeo coa súa victoria e o seu trofeo. Mais cando descubriron que era o Touro Pardo o que tiña ó de Cornos Brancos atravesado nos cornos, os Homes de Erín precipitáronse para acabar con aquel acabara co Touro de Cornos Brancos de Ailell. Pero Fergus volveu berrar: -Dei a miña palabra de que, a menos que as vantaxes e os froitos da victoria marchen con el e a menos que poida marchar ó seu país en paz, todo o que lle fixo ó touro vencido non vai ser nada comparado coa matanza que hei facer eu. Logo o Touro Pardo deu tres dos seus brados máis altos, e os Homes de Erín non se moveron por medo ó que Fergus lles puidese facer. O Touro Pardo virou ó leste en dirección ó seu país e comezou o regreso á casa, pero antes de abandona-lo dominio real de Maeve sacudiu o fígado do Touro de Cornos Brancos dos cornos e deixouno nun montón diante do palacio, de maneira que así recibiu o seu nome Cruachan: Cruac Aei, que significa O Montón de Fígado. Ó chegar el ó Shannon, parou a beber no vao; e mentres bebía non pasou unha soa gota do río diante súa. Logo, volveu sacudi-los cornos, e os dous illares do Touro de Cornos Brancos caeron ó chan, dándolle ó lugar ó nome que ten hoxe en día, Athlone ou O Vao dos Illares. Pouco despois, detívose nun outeiro alto que estaba no medio de Irlanda e sacudiu os restos que quedaban do Touro de Cornos Brancos; os anacos saíron voando en tódalas direccións por todo o país, de xeito que a pata traseira aterrou en Waterford ou O Vao da Perna Traseira; e as costelas en Dublín, que se chamou dende aquela O Vao das Costelas. Torcendo cara ó norte, chegou por fin ó seu país, e ó ver de novo os outeiros de Cooley, apoderouse del tanta ledicia e emoción que lle deu por cargar contra unha multitude de xente que estaba no seu camiño e matounos a todos. Logo, o touro deulle as costas a Erín e dirixiuse ó norte, foi cara a unha montaña alta que estaba diante del, dirixiuse á súa ladeira rochosa e da boca del comezou a saír a cachón un regueiro de sangue moi escuro, o seu corazón rebentou e morreu. |