|
O presente relato atopouse entre os últimos escritos de Diedrich Knickerbocker, un ancián cabaleiro de Nova York, que se interesou moito pola historia da provincia cando era unha colonia holandesa e polos costumes dos descendentes dos seus colonos primitivos. Sen embargo, os seus estudios históricos baseounos máis nos homes que nos libros, xa que estes non eran, por desgracia, tan exhaustivos nos seus temas favoritos coma os vellos aldeáns e, sobre todo, nas súas mulleres, que tanto saben desas fantásticas tradicións, tan pouco valoradas pola historia real. Polo tanto, sempre que atopaba cunha auténtica familia holandesa, comodamente encerrada no seu casarío de tellado baixo, á sombra dun sicómoro florecente, contemplábaa como se se tratase dun libro con encadernación de luxo, e estudiábaa con máis entusiasmo que un rato de biblioteca. Todos estes estudios deron como resultado un libro sobre a historia da provincia durante o goberno dos holandeses, que publicou hai algúns anos. Houbo opinións moi diversas sobre o carácter literario da súa obra que, francamente, non era todo o boa que debería ser. O seu mérito principal reside na minuciosa exactitude que, de feito, foi algo discutida na súa primeira publicación, pero dende aquela foi completamente demostrada e hoxe está considerado un libro de autoridade incuestionable en tódalas compilacións históricas. Este ancián cabaleiro faleceu pouco despois da publicación da súa obra, e agora que está morto e enterrado, non haberiamos faltar á súa memoria se dixesemos que tería empregado moito mellor o seu tempo en labores de maior importancia. Sen embargo, foi quen de levar aquel pasatempo ó seu xeito, e aínda que sempre trataba de ensarillar ós seus veciños e de darlles pena ós seus amigos, polos que sentía o máis sincero respecto e estima, séguense lembrando os seus erros e loucuras "con máis tristeza ca cólera", e agora comeza a sospeitarse que nunca tentou prexudicar nin ofender a ninguén. Pero aínda que a súa memoria sexa obxecto de críticas, segue sendo moi querido por moitas persoas, ás que sempre hai que ter en conta; sobre todo a certos panadeiros, que mesmo chegaron a plasma-lo seu retrato nos doces de aninovo, dándolle así a oportunidade de se converter en inmortal, case do mesmo xeito que se estivese gravado nunha medalla de Waterloo ou nun penique da raíña Ana.
Rip Van Winkle Un relato póstumo de Diedrich Knickerbocker
Por Mercurio, mensaxeiro dos deuses Que ó mércores deu nome, Antes que ningún home xuro que a verdade por diante hei levar ata o día en que me teñan que enterrar baixo a miña sepultura (William Cartwright) Calquera que remontase o Hudson algunha vez, hase lembrar das montañas Kaatskill. Son unha parte desmembrada do gran sistema que forman os montes Apalaches, e pódense enxergar ó oeste do río, elevándose ata alcanzar unha nobre altura e dominando os arredores. Calquera cambio de estación, calquera cambio climático de feito, calquera hora do día produce algún tipo de variación nas formas e as cores máxicas destas montañas, e tódalas boas mulleres de aquí e de acolá as observan, xa que son uns barómetros perfectos. Cando o tempo é bo e estable, as montañas vístense de azul e violeta, e pintan os seus contornos pronunciados no ceo azul da tardiña. Mais outras veces, cando o resto da paisaxe está despexada, acumulan unha nube de vapores grises sobre o cumio que, gracias ós últimos raios do solpor, brillan e resplandecen formando unha auréola luminosa. Ó pé destas máxicas montañas o viaxeiro pode enxerga-lo lene fume que ascende en espiral dende a aldea, na que brillan os tellados de madeira vella entre as árbores, xusto onde os tons azuis das zonas elevadas se funden co verdor fresco da paisaxe. É unha aldeíña moi antiga, que foi fundada por algúns dos colonos holandeses nos primeiros tempos da provincia, contra o principio do goberno do bo Peter Stuyvesant (que en paz descanse) e aínda quedaban en pé, ata hai algúns anos, algunhas casas dos poboadores orixinais, construídas con ladrillos amarelos traídos de Holanda, que tiñan ventás enreixadas e pinches de fachada coroados por cataventos. Nesa mesma aldea e nunha desas mesmas casas (que, para sermos sinceros estaba lamentablemente deteriorada polo tempo e pola intemperie), viviu xa hai moitos anos, cando o país era aínda unha provincia británica, un tipo sinxelo de carácter afable, chamado Rip Van Winkle. Era descendente dos Van Winkle, que ocuparan un lugar moi importante nos días cabaleirosos de Peter Stuyvesant e acompañaran a este no asedio de Fort Christina. Emporiso, herdara ben pouco do temperamento militar dos seus devanceiros. Teño que dicir que ademais de ser un home sinxelo de carácter afable; era un bo veciño e un marido submiso: un miñaxoia. De feito, esta última circunstancia era probablemente a causa principal desa docilidade de espírito que lle deu tanta fama universal, xa que esa clase de homes que teñen que estar ás ordes dunha harpía na súa casa son os que máis tenden a ser amables e pacíficos fóra do propio fogar. O seu carácter, sen dúbida, acaba sendo flexible e maleable no forno candente das tribulacións domésticas, e unha rifa despois de deitarse é máis eficaz ca tódolos sermóns do mundo para ensina-las virtudes da paciencia e do longo sufrimento. Polo tanto, unha esposa feroz pode, en certo modo, considerarse unha tolerable bendición. E se isto é certo, entón Rip Van Winkle era o home máis bendito do mundo. Certo é que el era o favorito de tódalas boas esposas da aldea, que, como adoita suceder co sexo débil, poñíanse da súa parte en tódalas discusións familiares e non dubidaban en botarlle toda a culpa á señora Van Winkle todas e cada unha das veces que o tema saía a relucir nos seus parrafeos vespertinos. Tamén os nenos da aldea estoupaban de ledicia cada vez que el se achegaba. El axudábaos cos seus pasatempos, fabricáballes xoguetes, ensináballes a facer voa-los cataventos e a xogar ás bólas e contáballes longas historias de fantasmas, meigas e indios. Cada vez que ía de aquí para alá pola aldea, atopábase rodeado por unha tropa de rapaces, que se colgaban dos seus faldróns, subíanlle polo lombo e gastábanlle infinidade de bromas sen piedade ningunha. E non había un só can en todo a aldea que ousase ladrarlle. O erro máis grave do carácter de Rip era a insuperable aversión que lle tiña a calquera tipo de traballo de proveito. Pero non era por costume nin por teimosía, xa que ás veces sentaba nunha rocha mollada, cunha cana tan longa e pesada coma a lanza dun tártaro e poñíase a pescar durante todo o día sen emitir un só murmurio, a pesar de que non houbese un só peixe que picase para animalo. Outras veces camiñaba durante horas e horas por fragas e pantanos, levando a escopeta ó ombro, subindo outeiros e descendendo ata os vales, para cazar algúns esquíos ou pombas salvaxes. Non sería nunca quen de negarse a axudar a un veciño na máis difícil das tarefas e en tódalas festas que alí se facían era o primeiro en debulla-lo millo ou en construír valos de pedra. As mulleres da aldea tamén o utilizaban para mandalo ós seus recados e para facerlles eses traballiños tan curiosos que os seus pouco corteses maridos non facían por elas. En resumo, Rip estaba disposto a ocuparse dos problemas de calquera antes que dos seus, mais o que era atender ás obrigacións familiares e mante-la súa granxa en orde, resultáballe imposible. De feito, el confesaba que non pagaba a pena traballar na súa granxa, que era o anaco de terra máis inmundo de todo o lugar; todo o referente a ela era un desastre, e seguiría a selo con ou sen a súa axuda. Os seus valos estábanse derrubando arreo; dáballe o mesmo que a súa vaca se extraviase ou que pasase por riba das verzas; a maleza crecía sempre máis axiña nos seus campos ca noutro calquera; a chuvia teimaba en caer sempre que el tiña que facer algún traballo no exterior. Así que aínda que as súas propiedades se fosen reducindo durante a súa supervisión, un acre tras doutro, ata non quedar máis ca unha parceliña con millo e patacas, seguía a se-la granxa en peores condicións de todo a aldea. Os fillos del ían tan farrapentos e resultaban tan salvaxes que semellaban non ter familia. O seu fillo Rip era un galopín cuspidiño a seu pai, que prometía herda-los costumes deste, xuntamente coa súa roupa vella. Normalmente ía trotando coma un poldro detrás da nai, vestido cuns pantalóns gastados do pai, que suxeitaba cunha man con moito aquel, como o faría unha dama coa cola do seu vestido nun día de chuvia. Malia todo, Rip Van Winkle era un deses alegres mortais de ideas absurdas e irracionais, que levan unha vida fácil, comen pan de centeo ou de millo, segundo o que lles dea menos traballo conseguir, e que prefiren pasar fame tendo un penique antes que traballar para acadar unha libra. Se por el fose, xa se tería esquecido da vida, e tan contento; mais a dona non deixaba de incharlle as orellas reprochándolle a súa nugalla, a súa total despreocupación e maila ruína que el estaba a traerlle á familia. Toda a mañá, toda a tarde e toda a noite, dáballe á lingua sen parar, e calquera cousa que el dixese ou fixese habería producir unha interminable verborrea familiar. Rip só tiña unha forma de contestar a tódalas lerias dese tipo que, polo costume, xa se convertera en rutina. Encollía os ombros, asentía coa cabeza e pechaba os ollos sen pronunciar palabra. Mais, isto sempre tiña como consecuencia unha longa rifa por parte da muller, ata que el quedaba sen forzas e liscaba para a rúa: o único lugar que pertence realmente ós miñaxoias. A única compañía doméstica que tiña Rip era o seu can, Lobo, que era tan miñaxoia coma o amo; xa que a señora Van Winkle considerábaos compañeiros en ineptitude, e mesmo miraba para Lobo cunha ollada de maldade, coma se fose el o culpable de que o seu home andase polo mal camiño. O certo é que, no referente ó carácter que debería ter un can fiel, tiña tanta valentía coma árbores ten unha fraga; pero ¿que clase de valentía pode opoñerse ós horrores interminables e dominantes da lingua dunha muller? En canto Lobo entraba na casa, o pobre animal baixaba a cabeza, deixaba arrastra-lo rabo polo chan ou ben o escondía entre as patas, camiñaba ás furtadelas cun certo temor, mirando sempre de esguello para a señora Van Winkle e, ó menor sinal dun pao de vasoira ou dun cullerón, saía disparado cara á porta ouveando coma un tolo. Conforme pasaban os anos de matrimonio, as cousas ían a peor para Rip Van Winkle. Un carácter arisco non se suaviza nunca co paso do tempo, e unha lingua é o único instrumento que se volve máis afiado co uso. Durante unha boa tempada consolábase, cando o botaban da casa, frecuentando unha especie de club de sabios, filósofos e outros lacazáns da aldea, que estaba aberto día e noite. Organizaban as súas sesións nun banco situado diante dunha pequena taberna, que se distinguía porque tiña colgado un retrato da súa maxestade británica Xurxo III. Alí sentaban á sombra, calquera longo e preguizoso día de verán, para charlar con indiferencia sobre os díxomes da aldea ou para contar soporíferas e interminables historias sen importancia. Pero nin todo o ouro do mundo podería paga-lo pracer que producía escoita-las profundas discusións que tiñan ás veces cando, por un casual, caía nas súas mans un xornal dalgún viaxante que pasaba por alí. ¡Con que solemnidade escoitaban o seu contido así que o ía lendo Derrick Van Bummel, o mestre da escola!, un homiño pulcro e culto, que non se acovardaba ante a máis complicada das palabras do diccionario; ¡e con que sabedoría deliberaban sobre os sucesos públicos varios meses despois de aconteceren! As opinións desta comisión estaban totalmente controladas por Nicholas Vedder, un dos patriarcas da aldea, e propietario da taberna, na porta da cal ocupaba o seu asento dende a mañá á noite, movéndose unicamente para resgardarse do sol, e permanecer sempre á sombra dunha enorme árbore, de modo que os veciños podían saber qué hora era polos seus movementos coa mesma exactitude que se se tratase dun reloxo de sol. A verdade é que case non falaba, pero non cesaba de fuma-la súa pipa. E aínda así, os seus partidarios (pois todo gran home os ten), entendíano perfectamente e sabían cómo deduci-la súa opinión. Sempre que se lía ou falaba de algo que non lle gustaba, observaban cómo fumaba a súa pipa con rabia, dando curtas, frecuentes e violentas chupadas; en cambio, cando si lle gustaba, inhalaba o fume lentamente e con calma, expulsándoo en forma de nubes suaves e lixeiras, e ás veces sacaba a pipa da boca e deixaba que aquel vapor balsámico se lle coase polo nariz, asentindo con entusiasmo como sinal da súa total conformidade. Pero mesmo neste reducto seu, o malpocado de Rip acababa sendo derrotado pola terrible esposa, que interrompía de repente a tranquilidade da reunión para criticar a todos e cada un dos seus membros. Nin sequera un personaxe tan respectado como era o propio Nicholas Vedder estaba a salvo da lingua de víbora daquela terrible fera, que o acusaba abertamente de incitar ó seu home a andar todo o día de langrán. Ó final, o pobre Rip quedaba reducido case á desesperación e a única alternativa que tiña para fuxir do traballo da granxa e dos berros da súa muller era colle-la escopeta e botar a andar pola fraga. Alí sentaba ás veces ó pé dunha árbore e compartía o contido do seu zurrón con Lobo, de quen se compadecía coma o compañeiro de fatigas que era nos tormentos que sufrían. - Pobre Lobiño - dicíalle- a túa ama obrígate a levares unha vida de can; pero non te preocupes, meu amigo, que mentres eu viva non che ha faltar quen coide de ti. Lobo movía a rabo, miraba cariñosamente ó seu amo e, se un can pode sentir pena, penso sinceramente que este lle correspondía co mesmo sentimento dende o máis profundo do seu corazón. Durante unha longa camiñada típica dun bo día de outono, Rip subira, case sen se decatar, ata unha das zonas máis elevadas das montañas Kaatskill. Ía practica-lo seu deporte favorito: a caza de esquíos, e a soidade silenciosa do lugar facía resoar unha e outra vez o ruído dos disparos. Nos últimos da tarde, xa exhausto e arquexando, deixouse caer nunha lomba verde, cuberto de vexetación de montaña, que coroaba co seu cumio un precipicio. Había un claro entre as árbores que lle permitía divisar tódalas terras de alí abaixo: case dous quilómetros de bosque frondoso. Podía ver baixo os seus pés, moi, moi lonxe, o Hudson, que seguía, impoñente, o seu silencioso aínda que tamén solemne curso, co reflexo dunha nube violeta ou da vela dun barco que navegaba moi lentamente, coma se estivese a durmir sobre as súas augas de cristal, perdéndose finalmente entre as montañas azuis. Polo outro lado podía admira-la profundidade dunha valgada escabrosa, solitaria e escarpada, co fondo cheo de fragmentos dos precipicios máis próximos e lixeiramente iluminado polos raios do solpor. Rip seguiu contemplando esta paisaxe durante un intre. A noite ía chegando pouco a pouco; as montañas comezaban a lanza-las súas sombras azuis e alongadas sobre os vales. Decatouse de que se faría noite moito antes de que puidese chegar á aldea, ¡e suspirou profundamente ó pensar na angustia que suporía ter que aturar á señora Van Winkle! Cando xa estaba a piques de descender, oíu unha voz que viña de lonxe e berraba: - ¡Rip Van Winkle! ¡Rip Van Winkle! Mirou arredor, mais o único que puido ver foi un corvo que emprendía o voo solitario a través das montañas. Pensou que a súa imaxinación o traizoara e volveuse de novo para emprende-lo descenso, cando oíu o mesmo ton de voz a través do aire silencioso da tardiña: - ¡Rip Van Winkle! ¡Rip Van Winkle! Ó mesmo tempo, a Lobo alporizóuselle o pelo do lombo e, lanzando un lixeiro gruñido, foise ocultar detrás do seu amo, mirando ó fondo da valgada morto de medo. Rip sentiu que alguén se achegaba silandeiro. Virou a vista con ansiedade para aquela dirección, e enxergou unha estraña silueta que subía polas rochas con dificultade. Ía engoumado polo peso de algo que levaba ó lombo. Asombrouno atopar unha persoa nun lugar tan solitario e deshabitado pero, pensando que se trataría dalgún veciño dos arredores que precisaba axuda, apresurouse a botarlle unha man. Ó se achegaren, sorprendeuno aínda máis a estraña aparencia daquel descoñecido. Era un vello baixiño e robusto de cabelos mestos e barba encanecida. Vestía segundo a antiga usanza holandesa: cun xustillo de tea apertado ó van e dous pares de pantalóns diferentes, o de fóra de volume ancho, adornado con ringleiras de botóns ós dous lados e con flocos nos xeonllos. Levaba un sólido barril ó ombro, que semellaba estar cheo de licor e facíalle acenos a Rip para que se achegase e lle axudase a leva-la súa carga. Aínda que se sentía un pouco tímido e desconfiado coa presencia deste novo personaxe, Rip cumpriu coa presteza que o caracterizaba e, relevándose mutuamente, subiron por un barranco estreito, que aparentemente era o leito seco dun torrente de montaña. A medida que ían ascendendo, Rip sentía cada pouco tempo uns longos estrondos, coma tronos na distancia, que parecían vir dun profundo desfiladeiro, ou máis ben dunha greta entre rochas elevadas cara ás que conducía aquel camiño esgrevio. Detívose un instante, mais coidou que se trataba do rumor dunha desas tormentas esporádicas que ás veces se producen no alto das montañas, así que proseguiu. Pasaron a través do desfiladeiro e chegaron ata un val, que era coma un pequeno anfiteatro, rodeado de precipicios verticais, con árbores próximas ó bordo, que proxectaban as súas pólas, polo que a penas se podía albisca-lo azul do ceo e as nubes brillantes da noitiña. Durante todo o traxecto, os dous traballaran en silencio, xa que aínda que Rip non deixaba de preguntarse qué obxecto tiña cargar cun barril de licor ata o cumio daquela montaña escarpada, había algo estraño e incomprensible naquel descoñecido que lle metía medo e que impedía que houbese confianza. Ó entraren no anfiteatro, puido contemplar máis cousas sorprendentes. Nunha plataforma central había un grupo de personaxes de estraña aparencia, que estaban a xogar ós bolos. Ían vestidos dun xeito extravagante; algúns levaban xibóns curtos, outros xustillos, con longos coitelos colgados do cinto, e os máis deles tiñan uns pantalóns enormes, dun estilo semellante ós do estraño que o levara ata alí. Tamén os seus rostros eran peculiares: un deles tiña barba mesta, cara ancha e ollos pequenos e desagradables. O rostro doutro parecía formado unicamente polo nariz, e levaba un sombreiro cónico branco, resaltado por unha pluma de galo vermella. Todos tiñan barba, de formas e tonalidades diferentes. Había un que parecía se-lo xefe. Era un vello corpulento, de rostro desfigurado; levaba posto un xibón con encaixe, un cinto ancho con puñal, sombreiro de copa con pluma, calcetíns vermellos e zapatos de tacón alto con escarapelas. A Rip aquel grupo lembráballe as figuras dun vello cadro flamengo que estaba colgado no salón de Dominie Van Schaick, o cura da aldea, e que trouxeran de Holanda durante a época da colonización. Ora, o que a Rip lle parecía máis estraño era que, aínda que aqueles tipos estaban aparentemente a se divertir, amosaban unhas caras moi serias, e mantiñan un silencio moi misterioso, e ademais aquela era a partida de bolos máis triste que presenciara na súa vida. O único que interrompía a calma do ambiente era o ruído das bólas que, cada vez que botaban a rodar, producían eco por tódalas montañas co mesmo estrépito ca un trono. Cando Rip e mailo acompañante se achegaron, aqueles homes deixaron de xogar de súpeto, e fitárono cunha mirada tan fixa coma a dunha estatua e unha cara tan estraña, groseira e fría, que lle encolleu o corazón, e comezaron a tremerlle as pernas. O seu acompañante dispúxose a baleira-lo contido dos barrís nunhas xerras grandes e fíxolle un aceno para que as repartise entre aquela xente. El obedeceu tremendo co medo. Eles beberon o licor nun profundo silencio, e despois continuaron a partida. Pouco a pouco, os temores e a desconfianza de Rip fóronse disipando. Mesmo se atreveu, cando ninguén o estaba observando, a probar aquela bebida, que lle pareceu que tiña un sabor moi similar a unha excelente xenebra holandesa. Rip era bebedor por natureza e axiña se viu tentado a tomar outro trago. Un grolo levou a outro e así, os seus beizos probaron tantas veces aquela xerra que os seus sentidos xa non daban máis de si. A cabeza dáballe voltas e íase inclinando ós poucos, ata que caeu nun sono profundo. Ó espertar, encontrouse na lomba verde onde vira por vez primeira o vello do barril. Refregou os ollos e viu que era unha mañá luminosa e soleada. Os paxaros saltaban e chirlaban entre os arbustos, e unha aguia voaba polo alto, aspirando o aire puro de montaña. "É imposible", pensou Rip, "que durmise aquí toda a noite". Lembrou o que lle pasara antes de quedar durmido: aquel estraño co barril de licor, o desfiladeiro ente as montañas, aquel singular refuxio entre as rochas, aquela patética partida de bolos, a xerra. "¡Ai, aquela xerra! ¡Aquel demo de xerra!", pensou Rip. "¿E que escusa lle vou dar agora á señora Van Winkle?". Mirou arredor na procura da súa arma, pero no canto da escopeta limpa e ben engraxada, atopou ó seu carón un vello mosquete, que tiña o canón incrustado de ferruxe, o percusor medio caído e a culata abellada. Comezou a sospeitar que aqueles tipos serios da montaña lle xogaran unha mala pasada e, despois de emborrachalo de licor, lle roubaran a escopeta. Lobo tamén desaparecera, pero seguramente andaba na procura dalgún esquío ou dalgunha perdiz. Asubiou, berrou o seu nome, mais de nada serviu; o eco repetiu os seus berros e asubíos, pero por alí non había rastro de can ningún. Decidiu volver ó lugar da esmorga da noite anterior para, en caso de atopar algún dos que estaban a xoga-la partida, pedirlle que lle devolvese o seu can e a súa escopeta. Ó poñerse en pé para camiñar, sentiu que tiña as articulacións moi ríxidas e necesitadas da súa actividade máis frecuente. "Isto de durmir nas montañas non foi feito para min", pensou Rip, "e se por culpa desta aventura teño que gardar cama por mor dun ataque de reuma, a señora Van Winkle vaime armar un escándalo". Chegou ata o fondo da garganta, non sen certa dificultade. Atopou o barranco polo que ascenderan el e mailo seu acompañante a noite anterior, pero quedou abraiado ó ver que por el corría agora un regato, brincando dunha rocha noutra e enchendo aquela garganta dun continuo murmurio. Emporiso, apañouse para agatuñar por un lado, abrindo camiño con dificultade entre a espesura dos bidueiros, sasafráns e olmos escoceses, e ás veces tropezaba ou enredábase con algunha viña silvestre que enroscaba os seus gabiáns dunha árbore a outra, estendendo unha especie de rede que lle cortaba o camiño. Finalmente chegou ó lugar onde estaba a entrada do canón entre os precipicios, que conducía ó anfiteatro; pero non quedaba nin rastro daquela entrada. As rochas formaran un muro elevado imposible de traspasar, sobre o que corría unha lixeira capa de escuma procedente dun torrente que remataba nunha poza grande e profunda, escurecida polas sombras da fraga que a rodeaba. Rip fixo aquí un alto no camiño. Volveu chamar e asubiar polo seu can, mais a única resposta que recibiu foron os berros dunha bandada de corvos que andaban lacazaneando alá no alto, sobre unha árbore seca que sobresaía por riba dun soleado precipicio; e que, seguros alí arriba, parecía que estaban a mirar para abaixo mofándose do asombro deste pobre desgraciado. ¿Que podía facer? A mañá seguía avanzando, e Rip comezaba a botar en falta o seu almorzo. Dáballe pena abandona-lo can e a arma; temía volver onda a muller; pero non tiña sentido morrer de fame nas montañas. Moveu a cabeza, colgou o mosquete enferruxado ó lombo e, co corazón ateigado de preocupacións e nervios, emprendeu o retorno á casa. Así que se ía achegando á aldea, viu moita xente; mais a ninguén recoñecía, o que o sorprendeu bastante, pois que el estaba seguro de coñecer a todo o mundo dos arredores. A roupa que levaban tamén era dun estilo diferente ó que se acostumaba. Toda aquela xente observábao co mesmo ton de sorpresa, e todos refregaban os queixos cada vez que miraban para el. Este xesto repetíase unha e outra vez, o que induciu a Rip, dun xeito involuntario, a face-lo mesmo; ficou apampado ó se decatar de que ¡a barba medráralle case medio metro! Despois de traspasa-los límites da aldea, apareceu unha cuadrilla de rapaces correndo detrás del, berrando ás súas costas e sinalando co dedo a súa barba gris. Tamén os cans, ningún dos cales lle resultaba familiar, lle ladraban ó pasar. Igualmente, a propia aldea parecíalle distinta: era máis grande e populosa. Había ringleiras de casas que nunca vira antes, e aquelas que lle serviran algunha vez de guarida desapareceran. Había nomes descoñecidos nas portas, e rostros descoñecidos nas fiestras; todo era descoñecido para el. A mente comezáballe a facer crer que tanto el coma o mundo que o rodeaba estaban enfeitizados. Non había dúbida de que aquela era a súa aldea natal, da que marchara o día anterior. As montañas Kaatskill seguían alí; por alí corría ó lonxe o Hudson prateado; alí estaban tódolos outeiros e vales no lugar exacto onde sempre estiveran. Rip estaba verdadeiramente desconcertado. "Aquela xerra de onte á noite", pensou, "¡trastornou o meu pobre cerebro!". Non lle resultou doado atopa-lo camiño que levaba á súa casa; e achegouse a ela cun certo temor, agardando escoitar dun momento a outro a voz estridente da señora Van Winkle. Atopou a casa, que estaba en ruínas: tiña o tellado derrubado, as ventás esnaquizadas e as portas fóra das bisagras. Alí oculto estaba un can medio morto de fame, que asemellaba a Lobo. Rip chamouno polo seu nome, pero o cadelo gruñiu, amosou os dentes e non lle fixo caso. A verdade é que aquel xesto sentoulle moi mal a Rip. - Nin sequera o meu propio can é capaz de lembrarme - suspirou Rip. Entrou na casa que, para sermos sinceros, a señora Van Winkle mantivera sempre nunha orde exquisita. Estaba baleira, abandonada e aparentemente deshabitada. Esta desolación liberouno dos seus temores conxugais. Chamou en voz alta á súa muller e ós seus fillos, e aquelas estancias solitarias resoaron durante un instante, quedando despois todo outra vez en silencio. Apresuradamente, encamiñouse ó seu antigo lugar de reunión: a pequena taberna da aldea, mais tamén desaparecera. No seu lugar construíran unha raquítica casiña de madeira, con enormes ventás abertas, algunhas delas rotas e amañadas con vellos sombreiros e enaguas, tendo sobre a porta un letreiro que dicía: "Hotel da Unión, de Jonathan Doolittle". No canto da grande árbore que adoitaba dar refuxio á tranquila taberna holandesa de outrora, agora elevábase un mastro moi longo, que tiña algo no alto que parecía un gorro de durmir vermello, e no que ondeaba unha bandeira cunha curiosa serie de bandas e estrelas. Todo aquilo era tan estraño coma incomprensible. Sen embargo, no letreiro puido recoñece-lo rostro colorado do rei Xurxo, baixo o que tantas veces gozara da tranquilidade dunha pipa; pero incluso aquel retrato sufrira unha estraña metamorfose. A chaqueta vermella fora substituída por outra azul e ocre; tiña unha espada na man, en lugar dun cetro; a cabeza estaba decorada cun sombreiro de tres picos e ó seu pé, pintado con grandes letras, poñía xeneral wasington. Coma de costume, había unha chea de xente na porta; pero Rip non coñecía a ninguén. Mesmo o carácter daquelas persoas semellaba cambiado. Había un ton de discusión violenta e acalorada, en lugar da tranquilidade repousada e soporífera habitual. Buscou, sen atopalo, ó sabio Nicholas Vedder, con aquela cara ancha, aquel queixo partido en dous e aquela longa e fermosa pipa, que expulsaba nubes de fume de tabaco no canto de discursos baleiros. Tampouco viu a Van Bummel, o mestre da escola, sempre explicando o contido dalgún xornal antigo. En lugar de todos eles, quen se atopaba alí era un tipo fraco e con aspecto de bilioso, que estaba a proclamar enerxicamente os dereitos dos cidadáns. Eleccións, membros do Congreso, liberdade, o outeiro de Bunker, heroes do 66, e outras palabras que ó perplexo Rip lle parecían doutro idioma. O aspecto de Rip, con aquela barba longa e encanecida, o mosquete enferruxado, a roupa tan descoidada e o exército de mulleres e nenos que se acumularan ás súas costas, captou axiña a atención dos políticos da taberna. Xuntáronse todos arredor del, observándoo de arriba a abaixo con gran curiosidade. O orador volveuse e, dirixíndose a el, preguntoulle: - ¿Que votou vostede? Rip quedou mirando para el coma un parvo. Outro home baixiño pero igual de acalorado tiroulle do brazo e, apoiándose nas puntas dos pés, díxolle ó oído: - Que se é vostede federal ou demócrata. Rip seguía estando demasiado aparvado como para comprende-la pregunta, e nese momento un cabaleiro vello e fachendoso, que levaba un sombreiro rechamante de tres picos, abriu paso a través da multitude, apartando á xente cos cóbados segundo ía pasando, e detívose diante de Van Winkle. Tiña unha man na cintura e na outra levaba un bastón. A súa mirada penetrante e aquel sombreiro tan rechamante chegáronlle ata o máis fondo da alma e, nun ton austero, preguntoulle: - ¿Que foi o que o trouxo ata o lugar das votacións cunha arma ó ombro e unha multitude ás súas costas? ¿Quere vostede provocar algún disturbio nesta aldea? - ¡Líbreme Deus, cabaleiros! - berrou Rip a piques de se desmaiar- . Non son máis que un pobre home tranquilo, natural deste lugar e un súbdito leal do noso Rei. ¡Que Deus o bendiga! De súpeto, tódolos curiosos que alí estaban comezaron a berrar coma tolos: - ¡Un reaccionario! ¡É un reaccionario! ¡Un espía! ¡Un fuxitivo! ¡Botémolo de aquí! ¡Fóra con el! Con bastante dificultade, aquel home fachendoso de sombreiro de tres picos conseguiu restablece-la orde; e, cun aspecto aínda máis austero, preguntoulle de novo ó descoñecido acusado qué era o que facía alí e a quen andaba buscando. O pobre Rip asegurou con humildade que non tiña intención de causar ningún dano, e que o único que facía era buscar algúns dos seus veciños, que sempre andaban pola taberna. - Ben, ¿e quen son? ¿Cómo se chaman? Rip recapacitou un instante e preguntou: - ¿Onde anda Nicholas Vedder? Houbo un intre de silencio, ata que un ancián respondeu, con voz aguda: - ¿Nicholas Vedder? ¡Xa hai dezaoito anos que desapareceu! Antes había unha lápida de madeira no cemiterio que contaba toda a súa vida, pero despois de podrecer, tamén desapareceu. - ¿E Brom Dutcher? - ¡Ah! Alistouse no exército cando empezou a guerra. Algúns din que o mataron na batalla de Stony-Point, e outros que afogou durante unha tempestade ó pé do outeiro de Anthonys Nose. Non se sabe, endexamais regresou. - ¿Onde está Van Bummel, o mestre? - Tamén marchou á guerra. Foi un gran xeneral de milicias e agora está no Congreso. A Rip encolléuselle o corazón ó escoitar aqueles cambios tan tristes no seu fogar e nos seus amigos, que o deixaban só no mundo. Ademais, quedaba abraiado por cada unha das respostas, xa que falaban de longos períodos e de asuntos que el non lograba entender: guerra, Congreso, Stony-Point... Non tiña valor para preguntar por ningún amigo máis, así que berrou desesperadamente: - ¿É que ninguén coñece a Rip Van Winkle? - ¡Si, Rip Van Winkle! - exclamaron dous ou tres- . ¡Si, como non! Velaí está Rip Van Winkle, apoiado contra a árbore. Rip mirou cara a alí e observou unha copia exacta de si mesmo tal e coma era cando subira á montaña: cun aspecto igual de lacazán e, por suposto, igual de descoidado. O pobre estaba xa completamente confuso. Xa non estaba seguro nin da súa propia identidade, nin de se el era realmente el, ou outro home. Mentres aínda seguía abouxado, o home do sombreiro de tres picos preguntoulle quén era e cómo se chamaba. - Deus ben sabe - exclamou, xa a piques de tolear- que eu non son eu, son outra persoa, son ese de aí... ¡non!, ese é outro que se puxo no meu lugar. Onte á noite eu era o de sempre, pero quedei durmido na montaña e alguén me cambiou a arma; todo cambiou, mesmo eu, e agora non sabería dicir quén son nin cómo me chamo.
Os curiosos comezaron a mirar uns para os outros, asentindo e pestanexando con moita animación e dando golpiños na fronte cos dedos. Tamén se oían voces que dicían que era mellor agarra-la arma para asegurarse de que o vello non causase problemas. Nada máis escoitar tal suxestión, o fachendoso do sombreiro de tres picos retirouse a toda présa. Nese momento crítico, unha moza de bo aspecto abriu paso entre a multitude para poderlle botar unha ollada a aquel home de barba gris. Levaba un neno regordete nos brazos que, asustado polo aspecto de Rip, rompeu a chorar. - Cala, Rip - berroulle ela- . Cala, parviño, que este vello non che vai facer mal ningún. O nome do neno, o aspecto da nai e mailo ton da súa voz, espertaron unha serie de recordos na mente de Rip. - ¿Como se chama vostede, boa muller? - preguntou el. - Judith Gardenier. - ¿E como se chama o seu pai? - ¡Ai, pobre home! Chamábase Rip Van Winkle; hai vinte anos que marchou da casa coa súa escopeta, e dende aquela ninguén volveu oír falar del. O seu can volveu á casa só, así que nunca saberemos se foi que se pegou un tiro ou se resulta que o levaron os indios. Daquela eu aínda era unha nena.
Rip só tiña unha pregunta máis, pero fíxoa con voz entrecortada: - ¿Onde está a súa nai? - ¡Ah! Tamén morreu pouco despois; cortou as veas nun ataque de cólera durante unha discusión cun quincalleiro de Nova Inglaterra. Rip sentiu, por fin, un lixeiro alivio ó escoitar aquelas novas. E este honrado cabaleiro non se puido conter por máis tempo, e rodeou á súa filla e mailo fillo desta cos seus brazos. - Eu son o voso pai - berrou- . O mozo Rip Van Winkle que fun e o vello Rip Van Winkle que agora son. ¿É que ninguén se lembra do pobre Rip Van Winkle? Todos quedaron apampados, ata que unha vella, que cambaleaba entre o tumulto, levou a man á fronte e, ollando por debaixo da man durante un instante, exclamou: - ¡Pois claro que si! É Rip Van Winkle en persoa. Benvido de novo á túa casa, vello veciño. ¿Pero onde andaches metido estes vinte anos tan longos? Rip contou axiña a súa historia, xa que aqueles vinte anos foran para el unha noite. Os veciños quedaban pasmados ó escoitala; uns non paraban de pestanexar e de pasa-la lingua polas meixelas, e aquel fachendoso do sombreiro de tres picos que volvera onda a multitude unha vez rematado o perigo, pasaba a lingua polas paredes interiores da súa boca, e movía a cabeza, xesto que se foi transmitindo entre toda a asemblea alí reunida.
Sen embargo, decidiuse ter en conta a opinión do vello Peter Vanderdonk, que ía subindo o camiño lentamente. Era un dos descendentes do historiador do mesmo apelido, que escribiu un dos primeiros relatos sobre a provincia. Peter era o habitante máis vello da aldea, e tiña amplos coñecementos de tódolos acontecementos fantásticos e das tradicións da comarca. Recoñeceu a Rip inmediatamente, e corroborou a súa historia da maneira máis apropiada. Aseguroulles a todos os que alí se atopaban que polas montañas Kaatskill sempre roldaran seres estraños, que era un feito verídico que se fora transmitindo entre os seus antepasados ata chegar ó historiador e que tamén estaba comprobado que o gran Hendrick Hudson, o descubridor do río e da rexión, deixaba alí unha especie de sentinela cada vinte anos, coa súa compañía da Media Lúa, para que así se lembrasen os acontecementos da empresa realizada e, ó mesmo tempo, para deixar alí a un gardián que vixiase o río e a gran cidade á que lle deu nome. Tamén dixo que o seu pai os vira unha vez coas súas antigas vestimentas holandesas, xogando ós bolos nun cráter da montaña e que el mesmo escoitara unha tarde de verán o son das bólas ó rodar, coma o longo estrondo dun trono. Para non eternizarse coa historia, os alí presentes interrompérono, e proseguiron cos asuntos das eleccións, que eran máis importantes. A filla de Rip levouno a vivir con ela. Tiña unha casa cómoda e cálida e ben amoblada, e un granxeiro corpulento e alegre por esposo, que Rip recoñeceu como un dos pillabáns que adoitaban subirlle ó lombo. O seu fillo e herdeiro de Rip, que era cuspidiño o seu avó tal como estaba representado na figura da árbore, comezou a traballar na granxa, pero axiña deu mostras dunha disposición hereditaria para se ocupar de calquera outro asunto antes que dos seus. Rip continuou cos antigos itinerarios e costumes; deu axiña con moitos dos antigos camaradas seus, aínda que o certo é que empeoraran moito co paso do tempo. Así que preferiu facer novos amigos entre as xeracións máis recentes, coas que axiña simpatizou. Ó non ter nada que facer na casa, e tendo chegado nunha época tan feliz, na que un home era libre de face-lo que lle petase, volveu ocupa-lo seu posto no banco da porta da taberna, e foi venerado coma un dos grandes sabios da aldea, e como a crónica dos vellos tempos "antes da guerra". Levoulle algún tempo segui-lo fío dos díxomes, e comprende-los estraños acontecementos que tiveran lugar durante o seu letargo: cómo é que se producira unha guerra revolucionaria; cómo o país se liberara do xugo da vella Inglaterra e cómo, no canto de ser un súbdito da Súa Maxestade Xurxo III, agora era un cidadán libre dos Estados Unidos. De feito, Rip non era político; os cambios nos estados e imperios impresionábano moi pouco. Sen embargo, había unha clase de despotismo que tivera que sufrir durante moito tempo, que non era outro que a dictadura das saias. Afortunadamente, xa rematara; agora xa non era un escravo do matrimonio, e podía entrar e saír da casa cando lle petase sen temor algún á tiranía da señora Van Winkle. Sen embargo, sempre que se mencionaba este nome, el movía a cabeza, encollía os ombros e pechaba os ollos, o que podería interpretarse coma un xesto de resignación ante o seu destino, ou de ledicia pola súa independencia. Contáballe a súa historia a tódolos forasteiros que chegaban ó hotel do señor Doolittle. Ó principio notábase que cada vez que a relataba variaba algunhas das pasaxes, seguramente debido a que aínda había moi pouco que espertara. Finalmente acabou sendo máis coherente co relato que acabo de contar, e non había home, muller ou neno en toda a aldea que non o soubese de memoria. Algúns sempre dubidaron da súa autenticidade, e insistiron en que Rip toleara e que este era un bo exemplo diso. Pola contra, os vellos nativos holandeses, déronlle un crédito absoluto e practicamente universal. Mesmo hoxe en día, cando xa non se escoitan tronos nas tardes de verán sobre as Kaatskill, eles seguen afirmando que Hendrick Hudson e maila súa compañía están a xogar ós bolos. E o maior desexo de tódolos homes da aldea dominados polas súas donas, cando as vidas xa se lles fan longas, é poderen botar un grolo de tranquilidade da xerra de Rip Van Winkle. NOTA Como moitos sospeitarán, este relato foille suxerido ó señor Knickerbocker por unha superstición sobre Carlos V de Alemaña e a montaña Kypphauser; sen embargo, a nota adxunta que el engadira ó relato, demostra que é un feito absolutamente verídico, narrado coa súa fidelidade habitual: "A historia de Rip Van Winkle pode resultar, para moitos, incrible; pero aínda así eu doulle un crédito total, xa que sei que a rexión dos nosos antigos colonos holandeses foi o escenario dalgúns sucesos e aparicións fantásticas. De feito, teño escoitado historias máis estrañas ca esta nas aldeas que hai ó longo do Hudson, e todas elas foron tan ben demostradas que ninguén dubidou delas. Eu mesmo falei con Rip Van Winkle, que, a derradeira vez que o vin, era un vello digno de todo respecto que razoaba con tal perfección e que era tan coherente en tódalas súas afirmacións, que penso que ningunha persoa sensata habería dubidar de que todo aquilo ocorreu realmente. Ademais, eu vin un certificado sobre o asunto levado ante o xulgado, e asinado cunha cruz, co puño e letra do propio xuíz. Polo tanto, esta historia non admite posibilidade de dúbida. D.K." |