Voltar

Nathaniel Hawthorne

O retrato de Edward Randolph

Versión galega de L. C. Carballal

 

          O vello e lendario hóspede da Casa da Provincia perdurou na miña lembranza desde mediados do verán ata xaneiro. Un serán ocioso do último inverno, confiado en que podería atopalo no máis cómodo recuncho da cantina, decidín facerlle outra visita, esperando ser digno do meu país por tirar do esquecemento algún, do contrario, descoñecido feito da historia. A noite era fría e mais crúa, e facíase ruidosa por un case temporal de vento que asubiaba através da rúa Washington, causando que as luces de gas refulxisen e flutuasen dentro dos farois. Mentres avanzaba apresurado, a miña fantasía ocupábase cunha comparación entre o feitío presente da rúa e o que probabelmente tivo cando os gobernadores británicos habitaban a mansión cara á cal agora ía. Os edificios de tixolo naqueles tempos eran poucos ata que unha sucesión de lumes destrutivos varreron, unha e outra volta, as moradas e almacéns de madeira desde os máis populosos bairros da cidade. As edificacións erguíanse illadas e independentes, non como agora, confundindo as súas existencias separadas en aliñamentos conexos cunha fachada de identidade enfastiada, senón que cada unha posuía feituras de seu, como se o gosto individual do proprietario a modelara e o conxunto presentaba unha irregularidade pintoresca, cuxa ausencia é apenas compensada por algunhas belezas da nosa arquitectura moderna. Tal escena, tenuemente desaparecendo da vista pola luz dunha candea de sebo que tremelicaba acá e acolá, brillando através dos vidriños de xanelas diseminadas, podería formar un sombrizo contraste coa rúa tal como eu a ollaba, coas luces de gas resplandecendo de esquina a esquina, chameando dentro das tendas e lanzando unha claridade de pleno día através das láminas inmensas de cristal.

             Mais o negro, toldado ceo, dado que xirei os meus ollos para arriba, amosaba, sen dúbida, o mesmo aspecto que cando desaprobaba aos prerrevolucionarios neoingleses. A refolada invernal tiña o mesmo chío que era familiar aos seus ouvidos. Tamén a Vella Igrexa do Sur aínda apuntaba o seu antigo chapitel dentro da escuridade e estaba perdida entre a terra e o ceo; e cando pasei, o seu reloxo, que avisara así a moitas xeracións do transitorio que era o seu transcurso vital, faloume dura e lentamente coa mesma moral desconsiderada. “Só as sete en punto”, pensei. “As lendas do meu vello amigo escasamente matarán as horas entre esta e a hora de deitarse”.

          Pasando através do estreito arco crucei o patio, cuxos confíns interiores fixéronse visíbeis grazas a un farol sobre o portal da Casa da Provincia. En entrando á cantina atopei, como esperaba, o vello tratante de tradicións sentado cabo dun especial bo lume de antracita, arrancando nubes de fume dun corpulento cigarro. Recoñeceume con evidente pracer; pois as miñas raras calidades como ouvinte paciente invariabelmente me fan favorito dos cabaleiros anciáns e damas de tendencias narrativas. Arrastrando unha cadeira ao lume pedín ao meu anfitrión que nos favorecese cun vaso de ponche de whisky a cada un, que foi axiña preparado, moi quente, cunha roda de limón no fondo, un estrato tinto de viño do Porto sobre a tona e unha aspersión de noz moscada esparexida sobre todo. Cando tocamos os nosos vasos á xunta, o meu lendario amigo déuseme a coñecer a min como o Sr. Bela Tiffany, e eu alegreime coa singularidade do nome porque lle daba á súa imaxe e carácter unha sorte de individualidade no meu concepto. O grolo do vello cabaleiro obrou como un disolvente sobre a súa memoria, polo que rebordou con contos, tradicións, anécdotas de xente sonada morta e trazos de antigas maneiras, algúns dos cales eran puerís como unha nana de ama de cría, encanto que outros podían merecer a atención do historiador serio. Nada me impresionou máis que unha historia dun negro e misterioso cadro, que adoitaba estar pendurado nunha das cámaras da Casa da Provincia, xustamente encima do cuarto onde estabamos agora sentados. A seguinte é unha versión tan correcta do feito como o leitor sería capaz de obter de calquera outra fonte, aínda que, certamente, ten un matiz de achegamento novelesco ao marabilloso.

 

          Nun dos apousentos da Casa da Provincia conservárase desde había tempo un antigo cadro, o marco do cal era tan negro coma o ébano e o lenzo mesmo tan escuro por mor da idade, a humidade e o fume, que ningún toque da arte do pintor podía distinguirse. O tempo botara un impenetrábel veo sobre el e deixou á tradición, á fábula e á conxectura para dicir o que unha vez fora retratado alí. Durante a rexencia de moitos gobernadores sucesivos estivera colgado, por prescrito e indisputábel dereito, sobre a repisa da cheminea da mesma cámara; e aínda mantiña o seu lugar cando o tenente-gobernador Hutchinson asumiu a administración da provincia, tras a marcha de sir Francis Bernard.

          O tenente-gobernador sentábase, unha tarde, repousando a súa cabeza contra o tallado respaldo da súa maxestosa cadeira de brazos e fitando para arriba meditabundo á baleira negrura da pintura. Estivo escasamente un pedazo en tal inactiva reflexión cando asuntos do serísimo momento requiriron a decisión do rexedor; porque, dentro desa mesma hora, Hutchinson recibira información da chegada dunha flota británica, que traía tres rexementos desde Halifax para intimidar a insubordinación do pobo. Estas tropas agardaban o seu permiso para ocupar a fortaleza do Castelo William e a cidade mesma. Porén, no canto de pór a súa sinatura nunha orde oficial, alí sentado o tenente-gobernador estaba tan coidadosamente escrutando o preto deserto do lenzo que a súa conduta atraeu a atención das dúas persoas novas que o acompañaban. Unha, levando un traxe militar de ante, era o seu parente Francis Lincoln, o capitán provincial do Castelo William; a outra, que se sentaba nunha banqueta baixa diante da súa cadeira, era Alice Vane, a súa sobriña favorita.

             Ela estaba ataviada enteiramente de branco, unha pálida, etérea criatura que, aínda que nativa de Nova Inglaterra, fora educada no estranxeiro e parecía non soamente unha estraña doutro clima senón case un ser doutro mundo. Por varios anos, ata que ficou orfa, morara con seu pai na solleira Italia e alí adquirira un gosto e entusiasmo pola escultura e a pintura dos que atopou poucas oportunidades de satisfacción nas moradas desadornadas do señorío colonial. Disque os temperáns produtos do seu proprio lapis amosaban un xenio nada inferior, aínda que, quizais, a rude atmosfera de Nova Inglaterra entalara a súa man e embazara as cores resplandecentes da súa imaxinación. Mais observando a mirada firme do seu tío, que parecía buscar através da néboa dos anos descobrir o tema do cadro, excitouse a súa curiosidade.

          -É coñecido, meu querido tío -preguntou ela-, o que esta vella pintura representou outrora? Probabelmente, se se puider facer visíbel, resultaría ser a obra mestra dalgún grande artista; senón, por que ocupou tanto tempo tal conspicuo lugar?

          Como o seu tío, contrariamente ao seu costume habitual (para el que estaba tan atento  a todos os humores e caprichos de Alice como se fose a súa propria nena máis querida), non deu axiña resposta, o mozo capitán do Castelo William tomou aquel cargo sobre si.

          -Este escuro e vello cadrado de lenzo, miña bonita curmá -dixo el-, foi unha herdanza na Casa da Provincia desde tempo inmemorial. Acerca do pintor non podo dicirche ren, mais se a metade das historias contadas del son verdadeiras, ningún dos grandes mestres italianos produciu nunca tan marabillosa peza de traballo como esa que tes diante de ti.

          O Capitán Lincoln procedeu a relatar algunhas das estrañas fábulas e fantasías que, como era imposíbel rexeitalas por demostración ocular, creceran para ser artigos de  crenza popular respecto ao vello cadro. Unha das máis extravagantes e ao mesmo tempo das mellor acreditadas explicacións declárao ser un orixinal e auténtico retrato do Demo, tomado nunha reunión de bruxas perto de Salem; e que a súa enorme e terríbel semellanza fora confirmada por varios dos meigos confesos, no seu xuízo en tribunal aberto. Afirmábase así mesmo que un espírito familiar ou diaño vivía detrás do negror da pintura e amosárase el mesmo, en épocas de calamidade pública, a máis dun dos gobernadores reais. Shirley, por exemplo, contemplara esta ominosa aparición na véspera da vergoñosa e sanguenta derrota do xeneral Abercrombie baixo os muros de Ticonderoga. Moitos dos serventes da Casa da Provincia notaran miradas de aspecto torvo sobre eles polo luscofusco do abrente ou do serán, ou no medio da noite, encanto escallaban o lume que refulxía na cheminea de debaixo; contodo, se algún era bastante afouto para soster unha tea diante da pintura, aparecía tan negra e indistinguíbel como sempre. O máis vello habitante de Boston recordaba que seu pai, en cuxos días o retrato non se descolorira totalmente para a vista, outrora mirárao, mais nunca toleraría de seu ser interrogado sobre a face que alí estaba representada. En relación con semellantes historias, era salientábel que sobre o tope do marco había algúns restos esfiañados de seda preta, indicando que un veo pendurara xacando diante do cadro ata que a escuridade do tempo o ocultara tan eficazmente. Mais, despois de todo, a parte máis singular do asunto era que tantos dos pomposos gobernadores de Massachussetts permitiran á borrada pintura permanecer na cámara estatal da Casa da Provincia.

             -Algunhas desas fábulas son realmente atroces -observou Alice Vane, que tremera ocasionalmente tanto como sorrira mentres o seu curmán falaba-. Pagaría case a pena facer desaparecer a negra tona do lenzo, xa que a pintura orixinal pode dificilmente ser tan terríbel como a que a imaxinación pinta en troques dela.

          -Mais sería posíbel restaurar esta escura pintura aos seus prístinos matices? -perguntou o seu curmán.

          -Semellantes artes son coñecidas en Italia -dixo Alice.

          O tenente-gobernador espertárase do seu estado abstraído e escoitaba cun sorriso a conversación dos seus mozos parentes. Mais a súa voz tiña algo peculiar nos seus tons cando emprendeu a explicación do misterio.

             -Sinto, Alice, destruír a túa fe nas lendas ás que es tan afeizoada -observou el-, mais as miñas pescudas de anticuario desde hai tempo familiarizáronme co asunto desta pintura -se pintura pode ser chamada- que non é máis visíbel, nin nunca o será, que a cara do home hai tempo enterrado a quen xacando representou. Era o retrato de Edward Randolph, o fundador desta casa, unha persoa sonada na historia de Nova Inglaterra.

          -¡Daquel Edward Randolph -exclamou o capitán Lincoln- que conseguiu a anulación do primeiro estatuto provincial, baixo o que os nosos devanceiros gozaran de privilexios case democráticos! ¡Aquel que foi nomeado o arquinimigo de Nova Inglaterra e cuxa memoria é aínda detestada como a do estragador das nosas liberdades!

          -Foi o mesmo Randolph -respondeu Hutchinson, movéndose desacougadamente na súa cadeira-. Foi o seu fado probar a amargura do odio popular.

          -Os nosos anais cóntannos -continuou o capitán do Castelo William- que a maldición do pobo seguíu a este Randolph a onde foi e traballou malignamente en todos os subseguintes sucesos da súa vida, e que o seu efecto foi visto así mesmo na maneira da súa morte. Din, tamén, que a miseria interna desa maldición se manifestou cara a fóra e fíxose visíbel no rostro do home ruín, facéndoo tamén horríbel ao ser considerado. Deste xeito, e se este cadro verdadeiramente representaba o seu aspecto, foi beizón que a nube de negrura se amorease sobre el.

          -Estas tradicións son insensatez para quen comprobou, como eu fago, que pouco de verdade histórica permanece no fondo -dixo o tenente-gobernador-. Tocante á vida e ao carácter de Edward Randolph, demasiado creto implícito foi dado ao Dr. Cotton Mather, que -debo dicilo, aínda que algo do seu sangue corre polas miñas veas- encheu a nosa primitiva historia con vellos contos de mulleres, tan imaxinativos e extravagantes como os de Grecia ou Roma.

          -E contodo -moumeou Alice Vane-, non poden tales fábulas ter unha máxima? E, paréceme, se o rostro deste retrato é tan espantoso, que non estivo colgado sen causa tanto tempo nunha cámara da Casa da Provincia. Cando os rexedores se senten irresponsábeis, sería bo que se lembrasen do horríbel peso dunha maldición do pobo.

          O tenente-gobernador saltou e fitou por un momento a súa sobriña, como se as súas puerís fantasías golpeasen algún sentimento no seu proprio peito, que toda a súa prudencia ou principios non podían enteiramente dominar. Sabía, abofé,  que Alice, malia a súa educación foránea, mantiña as simpatías nativas dunha rapaza de Nova Inglaterra.

             -Silencio, parva nena -berrou el, por fin, máis xotamente do que nunca antes se dirixira á doce Alice-. O reproche dun rei ha de ser máis temíbel que o clamor dunha salvaxe e errada multitude. Capitán Lincoln, está decidido. A fortaleza do Castelo William debe ser ocupada polas tropas reais. Os dous rexementos sobexos serán aloxados na cidade ou acamparán sobre o terreo comunal. É tempo, logo de anos de tumulto, e case rebelión, de que o goberno da súa Maxestade teña un muro de forza sobre el.

          -Confiade, señor, confiade aínda un anaco na lealdade do pobo -dixo o capitán Lincoln-; non lles ensine que poden estar nunca noutros termos cos soldados británicos que os de irmandade, como cando loitaron lado a lado de vez na guerra cos franceses. Non converta as rúas da súa cidade nativa nun campamento. Pensádeo dúas veces antes de entregar o vello Castelo William, a chave da provincia, a outra garda que a dos verdadeiros neoingleses.

          -Mozo, está decidido -repetiu Hutchinson, erguéndose da súa cadeira-. Un oficial británico será acompañado este serán para recibir as instrucións necesarias para a disposición das tropas. A súa presenza tamén será requerida. Ata logo, adeus.

          Con estas palabras o tenente-gobernador axiña deixou o cuarto, mentres Alice e o seu curmán o seguiron máis amodo, bisbando xuntos, e cesando un momento ao mirar de esguello a misteriosa pintura. O capitán do Castelo William imaxinou que a actitude e o porte da rapaza eran semellantes aos que puideron ter pertencido a un deses espíritos de fábula -fadas ou criaturas dunha máis antiga mitoloxía- que por veces mesturaron o seu facer cos asuntos mortais, medio por capricho, mais con sensibilidade para a prosperidade ou dor humanas. Entanto suxeitaba a porta para que pasase, Alice acenou para o cadro e sorriu.

          -Sae, forma escura e malvada! -berrou ela-. É a túa hora!

          No serán, o tenente-gobernador Hutchinson sentábase na mesma cámara onde a escena devandita ocorrera, rodeado por varias persoas ás que reuniran intereses diversos. Alí estaban os notábeis de Boston, pais patriarcais e sinxelos do pobo, representantes excelentes dos vellos fundadores puritanos, cuxo vigor sombrío estampara tan fondamente unha marca sobre o carácter de Nova Inglaterra. Contrastando con estes estaban un ou dous membros do Concello, ricamente vestidos coas perrucas brancas, os coletes bordados e outras magnificencias da época, e facendo unha exhibición lixeiramente ostentosa do cerimonial cortesán. En presenza, así mesmo, estaba un maior do exército británico, esperando as ordes do tenente-gobernador para o desembarco das tropas, que aínda permanecían a bordo dos transportes. O capitán do Castelo William achábase cabo da cadeira de Hutchinson, cos brazos cruzados, mirando bastante altivamente o oficial británico, por quen ía ser decontado substituído no seu mando. Sobre a mesa, no centro da cámara, situábase un candelabro de prata, lanzando para abaixo o resplandor de meia ducia de candeas sobre un papel aparentemente disposto para o asinamento do tenente-gobernador.

          Parcialmente envoltos nas pregas voluminosas dunha das cortinas da ventá, que caían desde o teito ao chan, eran visíbeis os panos albos do vestido dunha dama. Pode semellar estraño que Alice Vane estivese alí, en tal momento, mais había algo tan infantil, tan desobediente, no seu carácter singular, tan afastado das normas ordinarias, que a súa presenza non sorprendeu aos poucos que a advertiron. Mentres, o presidente dos notábeis estaba dirixindo ao tenente-gobernador unha longa e solemne protesta contra a recepción das tropas británicas dentro da cidade.

          -E se a súa Señoría -concluíu este excelente pero algo prosaico vello cabaleiro-, decide persistir en introducir estes espadachíns e fusileiros mercenarios nas nosas tranquilas rúas, que non recaia sobre as nosas cabezas a responsabilidade. Pensade, señor, mentres hai aínda tempo, que se unha gota de sangue é derramada, ese sangue será un estigma eterno sobre a memoria da súa Señoría. Vostede, señor, escribiu, con pluma capaz, os feitos dos nosos devanceiros. Con maior motivo está desexar, portanto, que de seu mereza mención honorábel como un patriota verdadeiro e rexedor íntegro, cando as súas proprias obras sexan anotadas na historia.

          -Non son insensíbel, meu bo señor, ao desexo natural de permanecer ben nos anais do meu país -respondeu Hutchinson, controlando a súa impaciencia con cortesía-, nin sei ningún mellor método de lograr ese fin que resistindo o espírito temporal simplemente de dano que, co voso perdón, parece ter infectado a homes máis vellos ca min mesmo. ¿Queredes que agarde ata que a plebe saquee a Casa da Provincia, como fixeron na miña mansión particular? Crédeme, señor, pode vir o momento en que estaredes gostosos de escapar cara á protección do estandarte d’el-Rei, cuxo izamento é agora tan desagradábel para vostedes.

          -Así é -dixo o maior británico, que estaba impacientemente a esperar as ordes do tenente-gobernador-. Os demagogos da provincia chamaron o diabo e non poden botalo de novo. Nós esconxurarémolo no nome de Deus e d’el-Rei.

          -Se vos mesturades co demo, coidade das súas garras! -respondeu o capitán do Castelo William, aguillado polo sarcasmo contra os seus paisanos.

          -Pedindo o seu perdón, xove señor -dixo o venerábel notábel-, non introduza un espírito demoníaco nas súas palabras. Esforzarémonos contra o opresor con oración e abstinencia, como os nosos devanceiros farían. Coma eles, ademais, someterémonos a calquera destino que a Providencia xuizosa poida enviarnos; sempre, tras os nosos proprios mellores esforzos para emendalo.

          -E aquí asoman as garras do demo! -murmurou Hutchinson, que entendía ben a natureza da submisión puritana-. Esta cuestión será despachada decontado. Cando aquí haxa unha sentinela en cada esquina e un corpo de garda diante da Casa do Concello, un cabaleiro leal poderá aventurarse a camiñar fóra de casa. Que é para min o grito do populacho nesta remota provincia do reino? El-Rei é o meu dono e Inglaterra é o meu país! Apoiado pola súa forza armada, poño o meu pé sobre a chusma e rétoa!

          Tomou unha pluma, e estaba a piques de fixar a súa sinatura no papel que se situaba encol da mesa, cando o capitán do Castelo William puxo a man sobre o seu ombro. A liberdade do acto, tan contrario ao respecto cerimonioso que estaba entón considerado ao rango e á dignidade, espertou xeral sorpresa, e en ninguén máis que no tenente-gobernador mesmo. Erguendo a vista iradamente, decatouse de que o seu mozo parente estaba a apuntar o seu dedo á parede oposta. A mirada de Hutchinson seguiu o sinal; e viu, o que pasara inadvertido ata daquela, que unha cortina de seda preta estaba colgada diante do misterioso cadro, ocultándoo de vez. Os seus pensamentos de inmediato recorreron á escena do serán precedente; e, na súa sorpresa, confuso por emocións indistintas, mais sentindo que a súa sobriña puido ter unha actuación neste fenómeno, chamouna a berros:

          -Alice!... Ven acó, Alice!

          Tan pronto falara cando Alice Vane se escorregou do seu sitio e apertando unha man sobre os ollos, coa outra tirou para fóra a moura cortina que ocultaba o retrato. Unha exclamación de sorpresa estalou de cada espectador; mais na voz do tenente-gobernador había un ton de horror.

          -¡Polo ceo -dixo nun baixo e íntimo murmurio, falando un pouco máis para si que para os que o arrodeaban-, se o espírito de Edward Randolph foi aparecer entre nós desde o lugar do tormento, non podería levar máis dos terrores do inferno sobre a súa cara!

          -Por algún asisado fin -dixo o idoso notábel, solemnemente-, a Providencia disipou a néboa de anos que tanto tempo agachara esta efixie terríbel. Ata este intre ningún home vivo viu o que contemplamos!

          Dentro do antigo marco, que tan recentemente contivera unha negra extensión de lenzo, agora aparecía unha pintura visíbel, aínda escura, abofé, nas súas cores e sombreados, mais resaltada en enérxico relevo. Era a figura de medio corpo dun cabaleiro cun traxe de veludo bordado rico pero moi pasado de moda, cunha gola larga e barba, e levando un chapeu, cuxa aba sombreaba a súa fronte. Debaixo desta nube os ollos tiñan un fulgor peculiar que era case como de vida. O retrato todo parecía que saía tan claramente fóra do fondo, que tiña o efecto dunha persoa baixando a vista desde a parede cara aos atónitos e atemorizados espectadores. A expresión da face, se algunhas palabras poden expresar unha idea disto, era a dun canalla descoberto nalgún horríbel delito, e exposto ao odio asañado e ao ludibrio e mais ao desprezo arroibante dunha vasta multitude circundante. Alí estaba o esforzo do desafío, abatido e atropelado polo peso esmagador da ignominia. A tortura da alma viñérase adiante sobre a face. Parecía como se o cadro, entanto se ocultaba tras a nube de anos inmemoriais, estivera todo o tempo adquirindo unha intensa fondura e escuridade de expresión, ata agora que desescurecía de novo, e lanzaba o seu maligno agoiro sobre a hora actual. Tal, se a extravagante lenda pode ser crida, era o retrato de Edward Randolph, como aparecía cando unha maldición do pobo obrara a súa influencia sobre a súa natureza.

          -Volveríame tolo... esa horríbel cara! -dixo Hutchinson, que parecía fascinado pola súa contemplación.

          -Estade avisado, entón! -moumeou Alice-. El atropelou os dereitos dun pobo. Mirade o seu castigo... e evitade un crime como o seu!

          O tenente-gobernador certamente tremeu por un intre; mais, exercendo a súa enerxía -que non era, contodo, o seu máis característico trazo- esforzouse por librarse do feitizo da face de Randolph.

             -Rapaza! -gritou, rindo amargamente, mentres se volveu para Alice-, trouxeches para acó a túa arte de pintora, o teu espírito italiano de intriga, as túas tretas de efecto escénico, e coidas influenciar nos concellos ou rexedores e nos asuntos de nacións con tales estrataxemas triviais? Mira aquí!

          -Esperade aínda un pedazo -dixo o notábel, cando Hutchinson colleu de novo a pluma-, porque se algunha vez home mortal recibiu un aviso dunha alma atormentada, a súa Señoría é ese home!

          Fóra! -respondeu Hutchinson, ferozmente-. Embora esa pintura inerte berrar: “Refrea!”, non me conmovería!

          Botando unha carantoña de desafío ao rostro pintado (que parecía, naquel momento, intensificar o horror do seu miserábel e malvado aspecto), esborranchou no papel, en caracteres que indicaban un acto de desespero, o nome de Thomas Hutchinson. Logo, disque, tremeu como se aquela sinatura transferise lonxe a súa salvación.

          -Está feito -dixo, e colocou a man sobre a súa cella.

          -Poida o ceo perdoar o feito -dixeron as macias e tristes palabras de Alice Vane, como a voz dun bo espírito que foxe .

          Cando a mañá chegou había un murmurio afogado por toda a casa, e estendéndose desde alí sobre a cidade: aquela escura e misteriosa pintura movérase da parede, e falou cara a cara co tenente-gobernador Hutchinson. Se un milagre semellante se producira, non obstante, ningún rastro del permanecía despois; cara a dentro do antigo marco nada podía ser discernido, fóra da impenetrábel nube que cobrira o lenzo desde a memoria dos homes. Se a figura, xaora, avanzara, fuxira, como un espírito no abrente, e se ocultara tras a escuridade dun século. A verdade probabelmente era que o segredo de Alice Vane para restaurar as cores da pintura efectuaran soamente unha renovación temporal. Mais os que, naquel breve intervalo, observaran o horríbel rostro de Edward Randolph, non desexaban unha segunda ollada e sempre logo tremían co recordo da escena, como se un espírito mao aparecera visibelmente entre eles. E respecto a Hutchinson, cando, lonxe, alén do oceano, a súa hora mortal se produciu, alasaba e lamentábase de que estaba a afogar co sangue do masacre de Boston; e Francis Lincoln, o antigo capitán do Castelo William, que estaba na cabeceira da súa cama, advertiu unha semellanza na súa mirada frenética coa de Edward Randolph. O seu espírito roto sentiu, naquela hora temíbel, o tremendo peso da maldición dun pobo?

 

          Coa conclusión desta milagrosa lenda, perguntei ao meu anfitrión se o cadro aínda permanecía na cámara de sobre as nosas cabezas; mais o Sr. Tiffany informoume que había tempo fora mudado, e supúñase que estaba oculto nalgún afastado recuncho do Museo de Nova Inglaterra. Seica algún curioso anticuario poida atopalo alá, e coa asistencia do Sr. Howorth, o restaurador de pintura, poida subministrar unha non innecesaria proba da autenticidade dos feitos aquí apuntados. Durante o desenvolvemento da historia unha tormenta fora acumulándose fóra, e enfurecéndose e repenicando tan ruidosamente nas zonas superiores da Casa da Provincia, que parecía como se todos os vellos gobernadores e grandes homes estivesen desenfreándose escaleiras arriba, encanto o Sr. Bela Tiffany charlaba deles abaixo. No decurso de xeracións, cando moita xente viviu e morreu nunha vella casa, o asubío do vento através das súas fendas e a renxedura das súas viguetas e trabes vólvense estrañamente como os tons da voz humana, ou de risa atronadora, ou de fortes pasos tripando as desertas cámaras. É como se os ecos de medio século revivisen. Tales eran os sons fantasmais que ruxían e murmuraban nos nosos ouvidos cando me despedín do círculo que se atopaba arredor do fogar da Casa da Provincia, e baixando con decisión os banzos do limiar, abrinme paso cara á miña casa no medio dunha errabunda tormenta de neve.

 

 

 

FIN

 

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2004
© da tradución L.C. Carballal