Voltar

Denis Diderot

A relixiosa

Versión galega de María Dolores Ramos Duarte

 

A resposta do señor marqués de Croismare, se me contesta, proporcionarame as primeiras liñas deste relato. Antes de escribirlle, quixen coñecelo. É un home de mundo que se formou no exército; é maior e estivo casado; ten unha filla e dous fillos aos que quere e os que lle queren. Procede de familia ilustre, é intelixente, alegre, ten talento e gusto polas belas artes e, sobre todo, é orixinal. Gabáronme a súa sensibilidade, o seu honor e a súa probidade. Xulguei, polo grande interese que amosou polo meu caso e por todo o que me dixeron, que non me comprometera dirixíndome a el; pero non se pode presumir que se decida a cambiar a miña sorte sen saber quen son. E este é o motivo que fixo que vencese o meu amor propio e a miña repugnancia e que comezase estas memorias nas que describo unha parte das miñas desgrazas, sen enxeño e sen arte, coa inxenuidade dun neno e a franqueza do meu carácter. Como o meu protector podería esixir, ou quizais a fantasía me levaría a acabalas nun tempo no que uns feitos afastados xa non estarían na miña memoria, pensei que o resumo que as acaba e a profunda impresión que me quedará mentres viva serán suficientes para recordarmos con exactitude.

O meu pai era avogado; casara coa miña nai cunha idade bastante avanzada. Tivo con ela tres fillas. Posuía máis fortuna da imprescindible para establecelas solidamente, pero para iso, a súa tenrura debía estar igualmente repartida, e é moi difícil que eu poida facer este eloxio del. Certamente, eu valía máis cás miñas irmás polos atributos da intelixencia e a beleza, o carácter e o talento, o que parecía aflixir aos meus pais. O que a natureza e a aplicación me concederan como vantaxes sobre elas, convertérase para min nunha fonte de pesadumes. A fin de ser amada, querida, festexada, escusada sempre como eran, desexei parecerme a elas desde moi nena. Se sucedía que lle dicían á miña nai: «Tedes unhas fillas encantadoras», nunca se entendía que fose por min. Ás veces sentíame ben vingada desas inxustizas pero as loanzas que recibira custábanme tan caras cando estabamos sos, que preferiría a indiferenza ou mesmo a inxuria. Canta máis predilección me dedicaran os estraños, peor talante me amosaban cando marcharan. Cantas veces chorei por non ter nacido fea, estúpida, boba, orgullosa, nunha palabra, con todos os defectos que lles facían ter éxito a elas ante os nosos pais. Pregunteime con frecuencia de onde viría esa rareza, nun pai e nunha nai, polo demais honestos, xustos e piadosos. ¿Confesaréivolo, señor? Certas palabras que lle escapaban ao meu pai cando estaba furioso, pois era violento, certas circunstancias unidas en diferentes intervalos, os rumores dos veciños, as conversas dos criados fixéronme sospeitar unha razón que os escusaría en parte. Quizais o meu pai tivese algunha dúbida sobre o meu nacemento. Quizais eu lle lembrase á miña nai unha falta que cometera, e a ingratitude dun home a quen lle prestara demasiada atención, ¿que sei eu? Pero aínda que estas sospeitas estivesen mal fundadas, ¿que arriscaría confiándovolas? Queimaredes este escrito e prométovos que queimarei as vosas respostas. Como nós viñeramos ao mundo con pouca distancia unhas das outras, fixémonos grandes as tres xuntas. Empezaron a presentarse bos partidos. A miña irmá máis vella foi solicitada por un mozo encantador. Era moi agradable de aspecto e tiña moito máis xuízo do que a súa idade prometía. Notei que se fixaba en min e que ela non era máis có pretexto da súa asiduidade. Presentín todas as consecuencias que aquela atención me podía causar e advertín a miña nai. Quizais esa foi a única cousa que fixen na miña vida que lle agradase, e velaquí como fun recompensada. Catro días despois, ou polo menos, poucos días, dixéronme que me buscaran unha praza nun convento, e ao día seguinte leváronme a el. Encontrábame tan mal na casa que aquel suceso non me aflixiu, e fun a Sainte-Marie, o meu primeiro convento, con moita alegría. O amante da miña irmá, ao non verme máis, esqueceuse de min e converteuse no seu esposo. Chámase señor K... É notario e vive en Corbeil, onde vive mal. A miña segunda irmá foi prometida en matrimonio cun tal señor Bauchon, comerciante de sedarías en París, rúa Quincampoix e vive bastante ben con el.

Unha vez que as miñas irmás estaban establecidas, crin que pensarían en min e que non tardaría en deixar o convento. Tiña entón dezaseis anos e medio. Fixéranlles dotes considerables ás miñas irmás; eu prometíame unha sorte similar á delas, e a miña cabeza enchérase de seductores proxectos, cando me chamaron á sala de visitas. Era o pai Séraphin, director espiritual da miña nai, e tamén fora o meu, polo que non tivo dificultades para explicarme o motivo da súa visita. Tratábase de aconsellarme que tomase os hábitos. Protestei ante aquela estraña proposición e manifesteille claramente que non experimentaba ningún gusto polo estado relixioso.

—Tanto peor –dime el–, porque os vosos pais despoxáronse de todo polas vosas irmás e non vexo qué poderían facer por vós na situación precaria á que quedaron reducidos. Pensádeo, señorita. Ou tedes que entrar para sempre neste convento ou ir para algún convento de provincia onde vos recibirán por unha módica pensión e de onde non sairedes ata a morte dos vosos pais que pode facerse esperar moito tempo.

Queixeime con amargura e vertín un torrente de bágoas. A superiora estaba avisada, esperábame ao retorno do locutorio. Encontrábame nunha desorde que non se pode explicar. Díxome:

—¿Que tedes, miña querida nena? (Sabía mellor ca min o que me pasaba) ¡Como estades! Nunca se viu unha desesperación semellante á vosa. Facédesme tremer. ¿Acaso perdestes o voso señor pai ou a vosa señora nai?

Pensei responderlle, tirándome nos seus brazos: «¡Así o quixese Deus...!» pero contenteime con exclamar:

—¡Ai!, eu non teño nin pai nin nai; son unha infeliz á que detestan e á que queren enterrar aquí de por vida.

Deixou que chorase. Esperou o momento da tranquilidade. Expliqueille máis claramente o que se me acababa de anunciar. Parecía ter piedade de min. Compadeceume. Animoume a non abrazar un estado polo que non sentía ningunha atracción. Prometeume rogar, volver explicar, pedir. ¡Señor, que artificiosas son as superioras dos conventos!, non tedes nin idea. Escribiulles, en efecto. Non ignoraba cal ía ser a resposta. Comunicouma, e non foi ata ben tempo despois cando empecei a dubidar da súa boa fe. Entrementres, o termo que se lle puxera á miña resolución chegou. Veume informar coa tristeza mellor estudiada. Primeiro, permaneceu en silencio, despois, dirixiume algunhas palabras de conmiseración, tras as que comprendín o resto. Tivo lugar unha escena de desesperación; apenas teño outras para describirvos. Saber conterse é a grande arte desas mulleres. A continuación, díxome, a verdade, creo que chorando: «Ben, miña filla, ides entón deixarnos; querida filla, ¡non nos volveremos ver!» e outras declaracións que non entendín. Eu estaba recostada nunha cadeira onde ou gardaba silencio ou saloucaba, ou permanecía inmóbil ou me erguía e ía, un pouco apoiarme nas paredes, outro pouco exhalar a miña dor no seu seo. Velaí o que estaba pasando cando engadiu: «Pero, ¿por que non facedes unha cousa? Escoitade, pero non vaiades dicir que volo aconsellei eu. Conto cunha discreción inviolable da vosa parte, pois por nada do mundo querería que houbese un reproche que facerme. ¿Que vos piden? Que tomedes os hábitos. ¡Ben! ¿Por que non os tomades? ¿A que vos compromete iso? A nada, a permanecer outros dous anos connosco. ¿Quen sabe onde estaremos? Dous anos é moito tempo, poden pasar moitas cousas en dous anos...»

Uniulle a aquelas frases insidiosas tantos aloumiños, tantas declaracións de amizade, tantas doces falsidades... Eu sabía onde estaba pero non sabía a onde me levarían, e deixeime convencer. Escribiulle ao meu pai entón. A carta estaba moi ben, ai, para iso non hai ninguén mellor. Nin a miña pena nin a miña dor nin as miñas reclamacións estaban disimuladas. Asegúrovos que enganaría a unha moza máis lista ca min de igual xeito. Non obstante, acabábase por dar o meu consentimento. ¡Con que celeridade foi todo preparado! Acordaron o día, fixeron os meus hábitos; chegou o momento da cerimonia, sen que eu perciba hoxe o menor intervalo entre esas cousas. Esquecíame dicirvos que vin ao meu pai e á miña nai, que intentei conmovelos por todos os medios e que os encontrei inflexibles. Foi o señor abade Blin, doutor da Sorbonne, quen me exhortou e o señor bispo de Alep quen me entregou os hábitos. Esta cerimonia non é alegre de seu; aquel día foi das máis tristes. Aínda que as relixiosas se apresuraran para sosterme, sentín que se dobraban varias veces os meus xeonllos e estiven a piques de caer sobre os chanzos do altar. Non oía nada. Non vía nada. Estaba estupefacta. Levábanme, eu ía. Interrogábanme e respondían por min. Con todo, aquela cruel cerimonia acabou; todo o mundo se retirou e quedei no medio do tropel ao que se me acababa de asociar. As miñas compañeiras rodeáronme; abrazáronme e dixeron: «Irmá, vede, ¡que bela é!, ¡como lle realza o veo a brancura da cute!, ¡como a favorece ese diadema!, ¡como lle redondea o rostro!, ¡como lle agranda as meixelas!, ¡como lle fan lucir os hábitos o talle e os brazos!...» Eu apenas as escoitaba, estaba desolada. Non obstante, teño que recoñecelo, cando quedei soa na cela, acordeime dos seus afagos e non puiden absterme de verificalos no meu espelliño; pareceume que non estaban de todo fóra de lugar. Ese é un día de honores. Esaxeráronos para min, pero fun pouco sensible a eles e finxiron crer todo o contrario e dixéronmo, aínda que fose evidente que non servía para nada. Pola noite, ao saír da oración, a superiora dirixiuse á miña cela: «De verdade», díxome despois de me examinar un pouco, «non sei por que tedes tanta repugnancia por eses hábitos. Séntanvos de marabilla e estades encantadora. A irmá Suzanne é unha relixiosa moi bela; amaranvos máis por iso. Vexamos, camiñade... Mantédevos dereita, non podedes estar dobrada como estades..» Arranxoume a cabeza, os pés, as mans, o van, os brazos; deume case unha lección de Marcel sobre as grazas monásticas, pois cada estado ten as súas. A continuación, sentou e díxome: «Está ben, pero agora falemos en serio. Velaí dous anos gañados. Os vosos pais poden cambiar de decisión, vós mesma quizais queirades permanecer aquí, cando eles queiran tirarvos. Iso non é de todo imposible.»

—Señora, non o creades.

—Levades moito tempo entre nós, mais aínda non coñecedes a nosa vida. Ten as súas penas, sen dúbida; pero tamén as súas alegrías.

Ben podedes imaxinar todo o que puido engadir sobre o mundo e o claustro, está escrito por todas partes, e por todas partes da mesma maneira; pois grazas a Deus, fixéronme ler o farragoso memorial no que os relixiosos escribiron sobre o seu estado que coñecen ben e que detestan e contra o mundo que aman, que censuran e non coñecen.

Non vos detallarei o meu novizado. Se se observase toda a súa austeridade, non se resistiría. Pero, aínda así, é o tempo máis doce da vida monástica. A madre de novizas é a irmá máis indulxente que se pode encontrar. A súa función é a de vos ocultar todas as espiñas do estado relixioso; é un curso da seducción máis sutil e mellor preparada. É ela quen fai máis mestas as tebras que vos rodean, quen vos arrola, quen vos adormece, quen vos impón, quen vos atrae. A nosa uniuse a min particularmente. Non creo que haxa ningunha alma, nova e sen experiencia, que resista a proba desta arte funesta. O mundo ten os seus precipicios, pero non creo que se chegue a eles por unha pendente tan fácil. Se espirraba dúas veces seguidas, quedaba dispensada do oficio, do traballo, da oración, deitábame máis cedo e erguíame máis tarde, a regra cesaba para min. Imaxinade, señor, que había días nos que suspiraba porque chegase o instante de me mortificar. Non pasa no mundo unha historia amolada da que non se fale. Arranxan as verdadeiras; fanas falsas; e despois fan loanzas sen fin e accións de grazas a Deus que nos pon a salvo desas humillantes aventuras. Mentres tanto, achegábase ese tempo que eu adiantara ás veces cos meus desexos. Entón, volvinme pensativa. Sentín espertarse e acrecentarse a miña repugnancia. Íallela confiar á superiora ou á madre das novizas. Aquelas mulleres vínganse ben do aburrimento que se lles causa, pois hai que pensar que non se divirten co papel hipócrita que desempeñan e coas estupideces que están forzadas a repetir. Iso resúltalles á fin gastado e desagradable pero decídense a facelo por un milleiro de escudos que lles chegan por iso ao seu convento. Velaí o importante obxecto polo que menten toda a súa vida e lles preparan a mozas inocentes unha desesperación de corenta, de cincuenta anos, e quizais un infortunio eterno; pois seguro, señor, que de cen relixiosas que morren antes dos cincuenta anos hai xusto cen condenadas, sen contar as que se volven loucas, estúpidas ou violentas esperando.

Un día escapou unha desas últimas da cela na que a tiñan pechada. Eu vina. Foi na época da miña felicidade ou da miña desgraza segundo, señor, vexades a miña historia. Nunca vin nada tan horrible. Estaba esguedellada e case espida. Arrastraba unhas cadeas de ferro, tiña a mirada extraviada; arrincaba o pelo; batía no peito cos puños e corría. Gritaba; dirixía a si mesma e ás outras as máis terribles imprecacións. Buscaba unha fiestra para precipitarse por ela. Arrepioume o espanto e empecei a tremer. Vin a miña sorte na daquela infeliz e, inmediatamente, decidiuse no meu corazón que mil veces prefería morrer que expoñerme a aquilo. Presentiron o efecto que aquel suceso podería ter sobre o meu espírito e creron que debían previlo. Dixéronme daquela relixiosa non sei cantas mentiras ridículas que se contradicían: que xa tiña o xuízo alterado cando a recibiran; que sufrira un susto moi grande nun tempo crítico; que acabara tendo visións; que cría relacionarse cos anxos; que fixera lecturas perniciosas que lle danaran o espírito; que prestara atención a uns innovadores dunha moral esaxerada, que a asustaran con tanta forza cos xuízos de Deus que a súa cabeza estremecida perdera o sentido; que só vía demos, o inferno e os remuíños de lume; que estaban ben apesaradas; que era inaudito que houbese un caso semellante no convento, ¿que sei eu que máis aínda? Non crin nada. A todo momento me viña a tola relixiosa ao pensamento e renovaba o xuramento de non facer ningún voto.

Non obstante, chegou o momento no que se trataba de amosar se sabía cumprir a miña palabra. Unha mañá, despois do oficio, vin entrar a superiora na miña cela. Sostiña unha carta. O seu rostro expresaba tristeza e abatemento; tiña os brazos caídos; parecía que a súa man non tivese forza para levantar aquela carta. Mirábame; unhas bágoas parecían brillar nos seus ollos; estaba calada e eu tamén; esperaba que eu falase a primeira; estiven tentada a facelo pero contívenme. Preguntoume como me encontraba, que o oficio fora longo aquel día, que tusira un pouco e que lle parecía indisposta. A todo iso respondinlle: «Non, querida madre.» Ela sostiña a carta cunha man colgante. No medio daquelas preguntas, púxoa sobre os xeonllos e ocultábaa parcialmente coa man. Á fin, despois dalgunhas cuestións sobre o meu pai, a miña nai e vendo que eu non lle preguntaba qué era aquel papel, díxome: «Traio aquí unha carta...»

Ao oír estas palabras sentín que o meu corazón se turbaba e engadín cunha voz entrecortada e cos beizos tremendo:

—¿É da miña nai?

—Vós o dixestes. Tede. Lede ...

Repúxenme un pouco. Collín a carta. Empecei a lela con bastante firmeza pero, a medida que avanzaba, o pavor, a indignación, a cólera, o despeito, diferentes paixóns sucedíanse en min, tiña diferentes voces, tomaba diferentes aspectos e facía diferentes xestos. Algunhas veces, apenas sostiña o papel ou sostíñao coma se o quixese romper ou apertábao coma se tivese a tentación de engurralo e tiralo lonxe de min.

—Ben, miña filla, ¿que imos contestar?

—Señora, xa o sabedes.

—Non, non o sei. Os tempos son malos e a vosa familia sufriu perdas. Os negocios das vosas irmás están arruinados. Ambas as dúas teñen moitos fillos. Os vosos pais arruináronse para casalas e arruínanse para sostelas. É imposible que vos busquen unha sorte segura. Tomastes os hábitos. Isto ocasionoulles gastos. Con este paso désteslles esperanzas. O rumor da vosa profesión expandiuse por todas partes. A pesar de todo, contade sempre co meu auxilio. Nunca atraín a ninguén á relixión. É un estado ao que Deus nos chama e é perigoso mesturar a voz dun coa del. Non me atrevería a falarlle ao voso corazón se a graza non lle di nada. Ata o momento, non teño que reprocharme a desgraza doutra. ¿Podería empezar por vós, miña filla, que me sodes tan querida? Non me esquecín de que, grazas á miña persuasión, destes os primeiros pasos e non soportaría que se abusase diso para obrigarvos contra a vosa vontade. Vexamos, entón, xuntas. Poñámonos de acordo. ¿Queredes profesar?

—Non, señora.

—¿Non sentides ningunha atracción polo estado relixioso?

—Non, señora.

—¿Non obedeceredes aos vosos pais?

—Non, señora.

—¿Que queredes ser, entón?

—Calquera cousa, excepto relixiosa. Non quero selo. Non o serei.

—Ben, non o seredes; pero arranxemos unha resposta para a vosa nai...

Conviñemos algunhas ideas. Escribiu e amosoume a carta que me pareceu, outra vez, que estaba moi ben. Non obstante, enviáronme o director espiritual do convento. Enviáronme o doutor aconsellarme que tomase os hábitos. Encomendáronme á madre das novizas. Vin ao señor bispo de Alep. Tiven que romper lanzas con mulleres piadosas que se involucraron no meu caso sen que eu as coñecese. Tiven conferencias continuas coas monxas e cos sacerdotes. Veu o meu pai. As miñas irmás escribíronme. A miña nai apareceu de última. Resistín a todo. Non obstante, acordaron o día para a miña profesión. Non descoidaron nada para obter o meu consentimento pero, cando viron que era inútil solicitalo, decidiron prescindir del.

Desde ese momento pecháronme na cela. Impuxéronme silencio. Vinme separada de todo o mundo, abandonada a min mesma, e vin que decidiran, claramente, dispor de min sen min. Non quería comprometerme, era algo xa resolto, e todas as acusacións verdadeiras ou falsas que me dirixían sen descanso non me facían vacilar. Aínda así, encontrábame nun estado deplorable. Non sabía o que podía durar; e se acababa, aínda menos o qué me podía suceder. Entre estas incertezas, tomei unha decisión que vós xulgaredes, señor, como vos praza. Xa non vía a ninguén, nin á superiora, nin á madre das novizas, nin ás miñas compañeiras. Mandei chamar á primeira e aparentei aceptar a vontade dos meus pais, pero a miña intención era a de acabar con aquela persecución cun escándalo e protestar publicamente contra a violencia que querían inflixirme. Dixen entón que eran donos da miña sorte, que podían dispor dela como desexasen; que esixían que profesase e que profesaría. Velaí o xúbilo expandido por todo o convento; volveron os aloumiños con todos os afagos e toda a seducción. «Deus faláralle ao meu corazón. Ninguén estaba máis feito para o estado da perfección ca min. Era imposible que non fose así. Sempre o esperaran. Non se cumpren os deberes con tanta edificación e constancia cando non se está verdadeiramente destinada a iso. A madre das novizas nunca vira en ningunha das súas alumnas vocación mellor caracterizada. Estaba moi sorprendida do mal camiño que tomara, pero sempre lle dixera á madre superiora que había que aguantar e que pasaría, que as mellores relixiosas tiveran momentos así, que eran suxestións do demo que redobraba os seus esforzos cando estaba a piques de perder a súa presa; que eu lle ía escapar, que xa non habería máis ca rosas para min, que as obrigas da vida relixiosa me parecerían tanto máis soportables canto máis mas esaxerara, que ese peso súbita do xugo era unha graza do ceo, que se servía dese medio para alivialo.» Parecíame bastante singular que a mesma cousa viñese de Deus ou do demo, segundo lles conviñese considerar. Hai moitas circunstancias semellantes na relixión. E os que me consolaron dixéronme, frecuentemente, dos meus pensamentos, uns que eran instigacións de Satán, e outros inspiracións de Deus. Polo que parece o mesmo mal vén ou de Deus que nos pon á proba ou do diaño que nos tenta.

Conducinme con discreción. Crin poder responder de min. Vin ao meu pai. Faloume friamente. Vin á miña nai. Abrazoume. Recibín cartas de congratulación das miñas irmás e de moitas outras persoas. Souben que sería un tal señor Sornin, vicario de Saint-Roch, quen faría o sermón, e o señor Thierry, chanceler da universidade, quen recibiría os meus votos. Todo foi ben ata a véspera do gran día, agás que, tendo escoitado que a cerimonia sería clandestina, que habería moi pouca xente e que a porta da igrexa só estaría aberta para os parentes, chamei por medio da torneira a todas as persoas da veciñanza, aos meus amigos, ás miñas amigas e obtiven o permiso de escribirlles a algúns dos meus coñecidos. Presentouse todo aquel cúmulo ao que case ninguén esperaba, tiveron que deixalo entrar e a asemblea foi case tal e como a necesitaba para o meu proxecto. ¡Oh, señor, que noite aquela que precedeu! Non me deitei. Estaba sentada na cama. Chamaba a Deus na miña axuda. Erguía as mans cara ao ceo a quen tomei coma testemuña da inxustiza que comigo se cometía. Imaxinaba o meu papel ao pé dos altares: unha moza protestando en voz alta contra unha acción que parecía que consentira. Imaxinaba o escándalo dos asistentes, a desesperación das relixiosas, a cólera dos meus pais. «¿Deus, que vai ser de min?» Pronunciando estas palabras, apoderouse de min unha debilidade xeral. Caín esvaecida sobre a almofada. A esta debilidade sucedeu un estremecemento co que os meus xeonllos se batían e os meus dentes se golpeaban con ruído; a este estremecemento sucedeu unha calor terrible; o meu espírito turbouse. Non recordo espirme, nin saír da cela; pero encontráronme só co camisón, tendida no chan á porta da superiora, inmóbil e case sen vida. Só souben todo isto despois. Leváronme de novo á cela e, pola mañá, arredor de min estaban a superiora, a madre das novizas e aquelas ás que lles chaman as axudantes. Encontrábame moi abatida. Fixéronme algunhas preguntas. Viron, polas miñas respostas, que non tiña ningunha consciencia do que pasara e non me falaron máis dese asunto. Preguntáronme como me encontraba, se persistía na miña santa resolución e se me sentía capaz de soportar a fatiga do día. Respondinlles que si e, contra o que esperaban, nada foi alterado.

Dispuxeran todo desde a véspera. Tocaron as campás para amosar a todo o mundo que se ía facer unha desgrazada. O meu corazón volveu latexar con forza. Viñeron engalanarme. Ese día é un día de gala. Agora que recordo todas esas cerimonias, paréceme que terían algo de solemne e de conmovedor para unha rapaza inocente a quen a súa inclinación non a arrastrase a outra parte. Leváronme á igrexa. Celebrouse a santa misa. O bo do vicario, que supoñía en min unha resignación que non tiña, dedicoume un longo sermón no que non había unha palabra que non fose a contrasentido. Era algo moi ridículo todo o que me dicía da miña felicidade, da graza, da miña coraxe, do meu celo, do meu fervor e de todos os bos sentimentos que el me imaxinaba. O contraste entre o seu eloxio e o paso que ía dar perturboume. Tiven momentos de incerteza pero duraron pouco. Só sentín que carecía de todo o que había que ter para ser unha boa relixiosa. Entrementres, chegou o momento terrible. Cando tiña que entrar no lugar no que debía pronunciar o voto do meu compromiso, non me sostiña enriba das pernas. Dúas das miñas compañeiras colléronme por debaixo dos brazos. Tiña a cabeza recostada sobre unha delas e arrastrábame. Non sei que pasaba no corazón dos asistentes, pero estaban vendo unha rapaza vítima moribunda que levaban ao altar e de todas partes escapaban suspiros e saloucos, entre os que estou ben segura de que non se oíron os do meu pai nin os da miña nai. Todo o mundo estaba de pé. Había xente nova subida nas cadeiras e agarrada aos barrotes da reixa, e fíxose un profundo silencio cando o que presidía a miña profesión me dixo:

—Marie-Suzanne Simonin, ¿prometedes dicir a verdade?

—Prometo.

—¿Estades aquí do voso pleno grado e pola vosa libre vontade?

Eu respondín "non", pero as que me acompañaban responderon por min "si".

—Marie-Suzanne Simonin, ¿prometédeslle a Deus castidade, pobreza e obediencia?

Vacilei un momento. O sacerdote esperou e eu respondín:

—Non, señor.

Volveu comezar:

—Marie-Suzanne Simonin, ¿prometédeslle a Deus castidade, pobreza e obediencia?

Respondinlle cunha voz máis firme:

—Non, señor, non.

Detívose e díxome:

—Miña filla; tranquilizádevos e escoitádeme.

—Señor –díxenlle–, preguntádesme se lle prometo a Deus castidade, pobreza e obediencia; oínvos ben e respóndovos que non...

E virando a continuación cara aos asistentes, entre os que se levantara un gran murmurio, acenei que quería falar. O murmurio cesou e eu dixen:

—Señores, e sobre todo meu pai e miña nai, tómovos por testemuñas...

Ante esas palabras, unha das irmás deixou caer o veo da reixa e vin que era inútil continuar. As relixiosas rodeáronme e enchéronme de reproches. Escoiteinas sen dicir nada. Leváronme á cela e pecháronme baixo chave.

Alí, soa, abandonada ás miñas reflexións, comecei a calmar a miña alma. Volvín reflexionar sobre a miña decisión e non me arrepentín dela. Pensei que, tras o escándalo que provocara, era imposible que permanecese moito tempo naquel convento e que quizais non ousarían volver meterme noutro. Non sabía que ían facer comigo pero non vía nada peor ca ser relixiosa contra a miña vontade. Permanecín moito tempo sen escoitar falar de nada. As que me levaban de comer entraban, poñían a miña comida no chan e marchaban en silencio. Ao cabo dun mes, déronme roupa de secular. Quitei a do convento. Veu a superiora e díxome que a seguise. Seguina ata a porta conventual; alí subín nun coche onde encontrei a miña nai que me esperaba, soa. Sentei no asento de diante e a carroza partiu. Quedamos unha fronte á outra algún tempo sen dicir unha palabra. Tiña a mirada baixa. Non ousaba mirala. Non sei que ocorreu na miña alma pero, de súpeto, boteime aos pés dela e apoiei a cabeza sobre os seus xeonllos; non lle falaba pero saloucaba e asfixiábame. Ela rexeitoume con dureza. Non me volvín erguer. Empezou a sangrarme o nariz. Agarreille unha das mans contra o seu desexo e, regándoa coas bágoas e o sangue que fluía, apoiando a miña boca sobre aquela man, biqueina e díxenlle:

—Seguides sendo a miña nai; sigo sendo a vosa filla...

Ela respondeume (empuxándome aínda con máis dureza e retirando a man):

—Erguédevos, desgrazada, erguédevos.

Obedecinlle. Tranquiliceime e tapei o rostro coa cofia. Puxera tanta autoridade e firmeza no son da súa voz que crin que debía ocultarme á súa mirada. As bágoas e o sangue mesturábanse, baixábanme polos brazos e púxenme perdida sen darme conta. Por algunhas palabras que dixo, supuxen que lle manchara o vestido e a roupa co sangue e que iso a desgustaba. Chegamos á casa e leváronme enseguida a un pequeno cuarto que me tiñan preparado. Boteime outra vez aos seu pés na escaleira e retívena pola roupa, pero todo o que conseguín foi que se volvese cara a min e me mirase cun movemento de indignación da cabeza, da boca e dos ollos, que vós podedes imaxinar mellor do que eu describirvos.

Entrei na miña nova prisión, onde pasei seis meses, solicitando todos os días inutilmente a graza de falarlles, de ver ao meu pai ou de escribirlle. Traíanme de comer. Servíanme. Unha serventa acompañábame á misa os días de festa e volvía pecharme. Lía. Traballaba. Choraba. Algunhas veces cantaba, e así pasaban os meus días. Sustentábame un sentimento secreto: que era libre e que a miña sorte, por moi dura que fose, podía cambiar. Pero estaba decidido que sería relixiosa e funo.

Tanta inhumanidade, tanta obstinación por parte dos meus pais, acabou por confirmarme o que sospeitaba sobre o meu nacemento. Nunca puiden encontrar outro medio de escusalos. A miña nai temía, ao parecer, que eu un día reclamase o reparto de bens; que pedise a miña parte e que asociase unha filla natural ás fillas lexítimas. O que só era unha conxectura volveuse unha certeza.

Mentres estaba pechada na casa, facía poucos exercicios externos de relixión. Non obstante, mandábanme á confesión a véspera dos días santos. Xa vos dixen que tiña o mesmo director espiritual cá miña nai. Falei con el. Expúxenlle toda a dureza da conduta coa que se portaban comigo desde había tres anos aproximadamente. El coñecíaa. Queixeime da miña nai, sobre todo, con amargura e resentimento. Aquel sacerdote fixérase relixioso tarde. Era moi humano. Escoitoume tranquilamente e díxome:

—Miña filla, tede mágoa da vosa nai; compadecédea en vez de censurala. Ten bo corazón. Estade segura de que actúa así a desgusto.

—¡A desgusto, señor! ¿Quen pode obrigala? ¿Non me trouxo ao mundo? ¿E que diferenza hai entre as miñas irmás e eu?

—Moita.

—¿Moita?, non entendo a vosa resposta...

Ía empezar coa comparación entre as miñas irmás e eu, cando me detivo e me dixo:

—Veña, veña, a inhumanidade non é o vicio dos vosos pais; tratade de aceptar o voso destino con paciencia e de facer del polo menos un mérito ante Deus. Verei a vosa nai, e estade segura de que usarei toda a influencia que poida ter sobre ela para axudarvos...

Aquel moita, que me respondera foi coma un raio de luz para min. Xa non tiña dúbidas da verdade do que pensara sobre o meu nacemento.

O sábado seguinte, cara ás cinco e media da tarde, á caída do día, a serventa que me destinaran subiu e díxome:

—A vosa nai ordena que vos vistades.

Unha hora despois:

—A señora quere que baixedes canda min.

Encontrei á porta unha carroza na que montamos a criada e mais eu e souben que iamos aos Feuillants, xunto ao padre Séraphin. Estábanos esperando, só. A serventa afastouse e entrei no locutorio. Sentei, inqueda e curiosa polo que me ía dicir. Velaquí o que me dixo:

—Señorita, vaivos ser explicado o enigma da severa conduta dos vosos pais, pois obtiven o permiso da vosa nai. Sodes prudente, intelixente e firme. Estades nunha idade na que se vos pode confiar un segredo, aínda que non vos atinxa. Hai moito tempo que animei a vosa nai por primeira vez para que vos revelase o que ides escoitar. Nunca se decidiu a facelo. É duro para unha nai confesarlle unha falta grave á súa filla. Coñecedes o seu carácter, non vai con el o tipo de humillación de certa confesión. Creu que podería conducirvos ao seu designio sen este recurso. Equivocouse e está molesta por iso. Hoxe volveu pedirme consello, e foi ela quen me encargou que vos diga que vós non sodes filla do señor Simonin.

Eu respondinlle inmediatamente:

—Desconfiaba iso.

—Vede agora, señorita; considerade, sopesade; xulgade se a vosa nai pode, sen o consentimento, mesmo co consentimento do voso pai, unirvos a unhas fillas das que non sodes irmá; se lle pode confesar ao voso pai un feito sobre o que el xa ten bastantes sospeitas.

—Pero, señor, ¿quen é o meu pai?

—Iso non mo dixeron. É certo, señorita –engadiu– que favoreceron moito as vosas irmás e que tomaron todas as precaucións imaxinables polos contratos de matrimonio, pola corrupción dos bens, polas estipulacións, polos fideicomisos e outros medios, para reducir a nada a vosa lexítima parte no caso de que puidésedes un día acudir ás leis para reclamala. Se perdedes os vosos pais, encontraredes poucos recursos. Agora rexeitades o convento, quizais no futuro vos arrepintades de non estar nel.

—Non pode ser, señor; non pido nada.

—Non sabedes o que é a dificultade, o traballo e a indixencia.

—Coñezo polo menos o prezo da liberdade e o peso dun estado para o que unha non se sente chamada.

—Xa vos dixen o que tiña que dicirvos; sodes vós, señorita, quen tedes que reflexionar...

Dito isto, ergueuse.

—Pero, señor, unha pregunta máis.

—As que queirades.

—¿As miñas irmás saben o que me acabades de contar?

—Non, señorita.

—¿Como foron capaces de despoxar a súa irmá, pois elas así me consideran?

—¡Ai, señorita, o interese, o interese! Non obterían os considerables partidos que obtiveron. Cada un pensa en si neste mundo; e aconséllovos que non contedes con elas se chegades a perder os vosos pais; estade segura de que vos disputarán ata a máis mínima parte o pouquiño que teredes que compartir con elas. Teñen moitos fillos. Ese pretexto será o bastante honesto como para reducirvos á mendicidade. Ademais, elas xa non teñen ningún poder, son os maridos os que deciden todo. Aínda que tivesen algún sentimento de conmiseración, os recursos que vos darían sen sabelo os seus maridos converteríanse en fonte de divisións domésticas. Non vexo máis que cousas así, ou fillos abandonados, mesmo lexítimos, ou fillos socorridos á custa da paz doméstica. Á parte, señorita, o pan que se recibe é moi duro. Se me credes, reconciliarédesvos cos vosos pais. Faredes o que vosa nai espera de vós e seredes relixiosa. Daranvos unha pequena pensión coa que pasaredes os vosos días, se non felices, polo menos soportables. Polo resto, non vos ocultarei que o aparente abandono da vosa nai, a súa obstinación en pecharvos e algunhas outras circunstancias que xa non recordo, pero que souben no momento, producen no voso pai o mesmo efecto que sobre vós. O voso nacemento resultáballe sospeitoso. Agora xa non. E sen coñecer o segredo, non dubida de que só lle pertencedes como filla pola lei que lle atribúe os fillos a aquel que leva o título de esposo. Veña, señorita. Sodes boa e sensata. Pensade no que acabades de escoitar.

Erguinme; botei a chorar. Vin que el mesmo estaba conmovido. Ergueu docemente os ollos cara ao ceo e acompañoume ata a saída. Volvín encontrar a criada que me acompañara, subimos no coche e volvemos á casa.

Era tarde. Unha parte da noite estiven pensando no que se me acababa de revelar. Ao día seguinte seguín pensando no mesmo. Non tiña pai. O escrúpulo quitárame a miña nai.Tomaran precaucións para que non puidese pretender os dereitos do meu nacemento legal. Sufría unha catividade doméstica moi dura. Non quedaba ningunha esperanza, ningún recurso. Se falasen antes comigo, tras o establecemento das miñas irmás, e me tivesen na casa, que non deixaba de ser frecuentada, quizais houbese alguén a quen o meu carácter, a miña intelixencia, o meu aspecto e o meu talento lle terían parecido un dote suficiente. Aínda non era imposible, pero o escándalo que provocara no convento facíao máis difícil. Non se concibe como unha moza de dezasete a dezaoito anos pode chegar a ese extremo sen unha firmeza pouco común. Os homes louan moito esta calidade, pero parece que prescinden de boa gana dela naquelas que teñen propósito de facer as súas esposas. Ese era, con todo, un recurso que tentar antes de preocuparse por outro partido. Decidín abrirme á miña nai e pedinlle unha entrevista que me foi concedida.

Era no inverno. Ela estaba sentada nunha cadeira de brazos, á beira do lume; tiña o aspecto severo, a mirada fixa e os trazos inmóbiles. Achegueime a ela. Boteime aos seus pés e pedinlle perdón por todas as miñas culpas.

—É –respondeume– polo que me ides dicir que o mereceredes. Erguédevos. O voso pai está ausente. Tedes tempo para explicarvos. Estivestes co padre Séraphin. Sabedes, á fin, quen sodes e que podedes esperar de min, se o voso desexo non é o de mortificarme toda a miña vida por unha falta que xa expiei dabondo. Ben, señorita, ¿que me queredes?, ¿que decidistes?

—Mamá –respondinlle–, sei que non teño nada e que nada debo pretender. Estou ben lonxe de querer aumentar as vosas penas, da natureza que sexan. Quizais me encontrariades máis submisa á vosa vontade se me informásedes de certas circunstancias que era difícil que sospeitase. Pero á fin xa as coñezo. Sei quen son e só me queda conportarme en consecuencia co meu estado. Xa non me estrañan as distincións que establecestes entre as miñas irmás e eu. Recoñezo a xustiza delas. Subscríboas. Pero sigo sendo a vosa filla, levástesme no voso seo e espero que non o esquezades.

—¡Que me condene –replicou vivamente– se non vos concedo todo canto está no meu poder!

—Ben, mamá –díxenlle–, devolvédeme a vosa bondade; devolvédeme a vosa presenza; devolvédeme a tenrura do que cre ser o meu pai.

—Pouco falta –engadiu– para que non teña a mesma certeza sobre o voso nacemento ca vós e ca min. Nunca vos vexo ao lado del sen oír os seus reproches. Diríxemos pola dureza coa que vos trata. Non esperedes del os sentimentos dun pai tenro. E ademais, vóuvolo confesar, recordádesme unha traizón, unha ingratitude tan odiosa pola parte doutro que non podo soportar. Ese home amósase sen cesar entre vós e eu. Repúgname, e o odio que me inspira expándese sobre vós.

—¡Como! –díxenlle eu–, ¿só podo esperar de vós e do señor Simonin que me tratedes como unha estraña, unha descoñecida que recollestes por humanidade?

—Non podemos nin un nin outro... Miña filla, non envelenedes a miña vida por máis tempo. Se non tivésedes irmás, sei o que tería que facer, pero tedes dúas e teñen ambas familia numerosa. Hai moito tempo que a paixón que me sostiña se extinguiu. A conciencia reclama os seus dereitos.

—Pero aquel a quen lle debo a vida...

—Xa non está. Morreu sen acordarse de vós, e esa é a menor das súas falcatruadas...

Neste momento alterouse o seu aspecto, acendéronselle os ollos e a indignación apoderouse do seu rostro. Quería falar pero xa non daba articulado; impedíallo o tremor dos beizos. Estaba sentada. Inclinou a cabeza sobre as mans para ocultarme os violentos movementos que sufría. Permaneceu algún tempo nese estado; despois ergueuse e deu algunhas voltas pola estancia sen dar unha palabra; constrinxía as bágoas, que fluían con pena, e dixo:

—¡Monstro! Non dependeu del que non vos afogase no meu seo polos desgustos que me causou. Pero Deus quixo que vivísemos as dúas, para que a nai expíe a súa falta mediante a filla... Miña filla, nada tedes nin nada teredes. O pouco que podo facer por vós ocúltollelo ás vosas irmás. Velaí as consecuencias dunha febleza. Con todo, espero non ter que reprocharme nada cando morra; terei conseguido o voso dote cos meus aforros. Non abuso das facilidades do meu esposo, pero gardo cada día o que obteño da súa xenerosidade de vez en cando. Vendín as xoias que tiña e obtiven o seu permiso para dispor ao meu antollo da ganancia que me deron. Gustábame xogar e xa non xogo. Gustábanme os espectáculos e priveime deles. Gustábame a compañía e vivo retirada. Gustábame o fasto e renunciei a el. Se vos facedes relixiosa, como é a miña vontade e a do señor Simonin, o voso dote será o froito do que eu gardo cada día.

—Pero mamá –díxenlle–, aínda vén aquí algunha xente de ben; pode ser que apareza un home que, satisfeito coa miña persoa, non esixa, nin sequera, os aforros que vós destinastes ao meu establecemento.

—Xa non se pode pensar nesa posibilidade. O voso escándalo prexudicouvos.

—¿O mal non ten remisión?

—Non a ten.

—Pero se non encontro un esposo, ¿é necesario que me peche nun convento?

—A menos que queirades perpetuar a miña dor e os meus remorsos ata que teña os ollos pechados. Teño que enfrontarme con ese momento. As vosas irmás, nesa hora terrible, estarán á beira do meu leito; pensade se podería vervos a carón delas. ¿Cal sería o efecto da vosa presenza neses derradeiros momentos? Miña filla, pois sódelo, a pesar meu, as vosas irmás obtiveron pola lei un nome que vós tedes polo crime, non aflixades a unha nai que está para expirar; deixádea descender apraciblemente á tumba; que poida dicirse a si mesma, cando estea no momento de aparecer perante o gran xuíz, que reparou a súa falta como lle foi posible. Que poida gabarse de que, tras a súa morte, non levaredes a desavinza á casa e que non reclamaredes uns dereitos que non tedes.

—Mamá –díxenlle eu–, estade tranquila por iso. Facede que veña un notario, que redacte un documento de renuncia e sometereime a todo o que queirades.

—Non pode ser; un fillo non se desherda a si mesmo; ese é o castigo duns pais xustamente irritados. Se quixese Deus chamarme mañá, mañá tería que falar sobre ese extremo e abrirme ao meu marido, a fin de acordar as mesmas medidas. Non me expoñades a unha indiscreción que me volvería odiosa ante el e que ocasionaría consecuencias que vos deshonrarían. Se me sobrevivides, quedaredes sen nome, sen fortuna e sen estado... ¡infeliz!, dicídeme ¿que vai ser de vós?, ¿que pensamentos queredes que leve cando morra? Terei que dicirlle entón ao voso pai... ¿Que lle vou dicir? Que non sodes filla del... Miña filla, se fai falta que me bote aos vosos pés para obter de vós..., pero vós non tedes sentimentos, tedes a alma inflexible do voso pai...

Nese momento, entrou o señor Simonin. Viu a desorde da súa muller. Amábaa. Era violento; detívose de súpeto e, dirixíndome unha terrible mirada, díxome:

—¡Fóra...!

Se fose o meu pai non lle obedecería, pero non o era.

Falándolle á criada que me alumeaba, engadiu:

—Dicídelle que non volva aparecer.

Pecheime na miña pequena prisión. Pensei no que miña nai me dixera. Púxenme de xeonllos e rogueille a Deus que me inspirase. Recei durante moito tempo. Permanecín coa cara pegada contra o chan. Só se invoca a voz do ceo cando non se sabe qué decisión tomar e é raro entón que non nos aconselle obedecer. Foi a decisión que tomei. Queren que sexa relixiosa, quizais sexa tamén a vontade de Deus; pois ben, vouno ser. Xa que teño que ser desgrazada, ¿que importa onde? Pedinlle a aquela que me servía que me avisase cando o meu pai saíse. Ao outro día solicitei ter unha entrevista coa miña nai; mandoume dicir que lle prometera o contrario ao señor Simonin pero que podía escribirlle cun lapis que me deron. Escribinlle entón nun anaco de papel. Ese fatal papel foi encontrado e utilizado contra min.

«Mamá, sinto todas as penas que vos causei; pídovos perdón por elas. O meu desexo é o de pórlles fin. Facede de min todo o que vos praza. Se é a vosa vontade que me faga relixiosa, desexo que sexa tamén a de Deus.»

A serventa colleu este escrito e levoullo á miña nai. Subiu un pouco despois, e díxome con arrebato:

—Señorita, xa que bastaba unha palabra para facer felices ao voso pai, á vosa nai e a vós, ¿por que adiala tanto tempo? O señor e mais a señora teñen unha cara que eu nunca lles vira desde que estou aquí. Discutían permanentemente pola vosa culpa. Grazas a Deus non volverei velos así máis.

Mentres ela me falaba, pensaba que acababa de asinar a miña sentencia de morte; e ese presentimento, señor, verificarase se me abandonades.

Pasaron algúns días sen que oíse falar de nada; pero unha mañá, ás nove aproximadamente, abriuse bruscamente a miña porta. Era o señor Simonin, que entraba en bata e con gorro de durmir. Desde que sabía que non era o meu pai, a súa presenza só me causaba pavor. Erguinme. Fíxenlle a reverencia. Parecíame que tiña dous corazóns. Non podía pensar na miña nai sen conmoverme, sen ter gana de chorar. Non era así co señor Simonin. Seguro que un pai inspira unha sorte de sentimentos que non se sente por ninguén máis no mundo. Non se sabe iso sen terse encontrado, coma min, fronte a un home que levou durante moito tempo ese augusto carácter e que acababa de perdelo. Os demais ignorarano sempre. Se pasaba da presenza del á da miña nai, parecíame que eu era outra. Díxome:

—Suzanne, ¿recoñecedes esta nota?

—Si, señor.

—¿Escribístela libremente?

—Só podo dicir que si.

—¿Estades, polo menos, disposta a cumprir o que promete?

—Estou.

—¿Non tedes predilección por ningún convento?

—Non, sonme indiferentes.

—Abonda.

Deixoume e baixou.

Velaí o que respondín, pero desgraciadamente non quedou escrito. Durante unha quincena dunha total ignorancia do que estaba pasando, pareceume que acudiran a diferentes conventos e que o escándalo da miña primeira dilixencia impedira que me recibisen como postulante. Foi menos difícil en Longchamp, e iso sen dúbida porque insinuaron que sabía música e que tiña boa voz. Esaxeráronme as dificultades que tiveran e o favor que me facían ao aceptarme nese convento. Mesmo me obrigaron a escribirlle á superiora. Non me decataba das consecuencias daquel testemuño escrito que se me esixía; temíase, aparentemente, que un día me retractase dos meus votos. Querían ter unha declaración feita pola miña propia man de que o decidira libremente. Sen ese motivo, ¿como esa carta, que debía quedar nas mans da superiora, pasaría de contado ás mans dos meus cuñados? Pero deixemos logo ese tema; fai que vexa o señor Simonin como non quero velo. Xa non está vivo.

Conducíronme a Longchamp. Foi a miña nai a que me acompañou. Non pedín dicirlle adeus ao señor Simonin. Confeso que só me acordei cando estabamos de camiño. Estaban esperándome. Xa fora anunciada, tanto pola miña historia como polo meu talento. Non me dixeron nada do primeiro, pero tiñan moita présa por ver se a adquisición que acababan de facer pagaba a pena. Cando xa conversaramos de moitas cousas triviais, pois, despois do que me pasara, ben imaxinades que non se falou nin de Deus nin da vocación nin dos perigos do mundo nin da dozura da vida relixiosa e que non ousaron pronunciar unha palabra das piadosas parvadas coas que se enchen eses primeiros momentos, a superiora dixo:

—Señorita, sabedes música, cantades; temos un clavecín, así que se queredes, imos á sala de visitas.

Eu sentía a alma oprimida, pero non era o momento de amosar repugnancia. A miña nai pasou diante, eu seguina e a superiora pechou a marcha con algunhas relixiosas atraídas pola curiosidade. Era pola noite; trouxeron candeas. Senteime, púxenme ao clavecín. Preludiei durante moito tempo buscando unha peza de música na miña cabeza, que estaba chea delas pero que non encontraba ningunha. A superiora meteume présa e cantei sen poñer fineza, por costume, porque a peza érame familiar: Tristes preparativos, pálidos fachóns, día máis horrible cás tebras... Non sei que efecto produciu, pero non me escoitaron moito tempo. Interrompéronme con eloxios que me sorprendín de ter merecidos tan rápido e con tan pouco esforzo. A miña nai deixoume nas mans da superiora, deume a súa man para que lla bicase e marchou.

Velaí estaba, entón, noutro convento como postulante e con todas as aparencias de postular de pleno grado. Pero vós, señor, que sabedes ata o momento todo o que pasou, ¿que opinades? A maioría destas cousas non foron alegadas cando quixen retractarme dos meus votos. Unhas, porque eran verdades sen probas; outras, porque me farían odiosa sen me ser útiles. Non verían en min outra cousa que unha filla corrompida que manchaba a memoria dos seus pais para obter a súa liberdade. Tiñan probas do que estaba contra min; o que estaba ao meu favor nin se podía alegar nin probar. Non quixen nin sequera que se lles insinuase aos xuíces a sospeita sobre o meu nacemento. Certas persoas, alleas ás leis, aconselláronme que acusase ao director espiritual da miña nai e meu; iso non era posible, e aínda que o fose, non podería soportalo. Pero, a propósito, por temor de que me esqueza e dado que a ansia de axudarme non vos impide facer unha reflexión sobre isto, a non ser que vós sexades doutro parecer, creo que debemos ocultar que sei música e que toco o clavecín; non faría falta nada máis para delatarme. A ostentación deses talentos non vai coa escuridade e seguridade que busco. As do meu estado non saben nada desas cousas e é necesario que eu as ignore. Se me vise obrigada a exiliarme, viviría delas. ¡Exiliarme! Dicídeme, ¿por que esta idea me espanta? É que non sei a onde ir. É que son nova e inexperta. É que temo á miseria, aos homes e ao vicio. É que vivín sempre pechada e, se me vise fóra de París, sentiríame perdida no mundo. Todo isto pode non ser verdade pero é o que sinto. Señor, que non saiba a onde ir nin que facer de min, depende de vós.

As superioras de Longchamp, así como na maioría das casas relixiosas, cambian de tres en tres anos. Cando fun conducida a aquel convento, estaba no cargo unha tal señora de Moni. Non podo facervos moitos eloxios dela; foi, non obstante, a súa bondade o que me perdeu. Era unha muller de sentido común; que coñecía o corazón humano; era indulxente, aínda que ninguén tivese menos necesidade de selo. Todas eramos as súas fillas. Só vía as faltas que non podía absterse de advertir ou que a súa importancia non lle permitía pechar os ollos. Falo sen interese. Eu cumpría o meu deber con exactitude e ela tratábame con xustiza porque nunca cometín ningunha falta pola que me tivese que castigar ou perdoar. Se sentía predilección por alguén, era inspirada polo mérito; á parte disto, non sei se convén dicirvos que me amaba con tenrura e que non fun das últimas entre as súas favoritas. Sei que ese é un grande eloxio que me fago, maior do que podedes imaxinarvos, ao non tela coñecido. O nome de favorita é aquel que as outras lles dan por envexa ás que son máis queridas pola superiora. Se tivese algún defecto que reprocharlle á señora de Moni, sería que o seu gusto pola virtude, a piedade, a franqueza, a dozura, o talento, a honestidade entusiasmábaa abertamente e que non ignoraba que aquelas que non podían pretendelo sentíanse moito máis humilladas. Tiña, así mesmo, o don, que tal vez sexa máis común nun convento que no mundo, de discernir enseguida os espíritos. Era raro que unha relixiosa que non lle gustase ao principio lle gustase xamais; non tardou en collerme afecto e tiven desde o principio toda a confianza nela. ¡Pobres daquelas ás que non atraese sen esforzo! tiñan que ser malas, sen remedio, e que llo confesasen. Faloume da miña aventura en Sainte-Marie; conteilla sen ocultarlle nada, coma a vós. Díxenlle todo o que vos acabo de escribir e non esquecín o relativo ao meu nacemento e o que atinxe ás miñas penas. Compadeceume, consoloume e animoume a esperar un futuro máis doce.

Entre tanto, transcorreu o tempo do postulado e chegou o momento de tomar os hábitos e tomeinos. Fixen o novizado sen noxo. Paso por riba deses dous anos rapidamente, porque só eran tristes para min polo sentimento secreto de que me encamiñaba paso a paso á entrada nun estado para o que non estaba feita; algunhas veces renovábase con forza, pero ao instante recorría á miña boa superiora que me abrazaba, descubría a miña alma, expoñíame con forza ás súas razóns e acababa sempre por me dicir: «¿Acaso os outros estados non teñen as súas espiñas? Cada un só sente as súas. Veña, miña nena, poñámonos de xeonllos e recemos.»

Entón axeonllábase e pregaba en alto, pero con tanto fervor, elocuencia, dozura, elevación e forza que se diría que o espírito de Deus a inspiraba. Os seus pensamentos, as súas expresións, as súas imaxes penetraban ata o fondo do corazón. Ao principio, unha escoitábaa a ela, pouco a pouco sentíase atraída, uníase a ela, a alma estremecíase e compartía as súas éxtases. A súa intención non era a de seducir, pero certamente era o que facía. Saíase de cabo dela co corazón ardente; a alegría e a éxtase quedaban pintadas no seu rostro, ¡vertíanse bágoas tan doces! Era unha impresión que ela mesma fomentaba, que gardaba durante moito tempo e que se conservaba. Non só me remito á miña experiencia, senón á de todas as relixiosas. Algunhas dixéronme que sentían nacer nelas, coma un gran pracer, a necesidade de ser consoladas, e creo que só me faltou un pouco máis de costume para chegar ao mesmo. Eu experimentaba, non obstante, ao achegarse a miña profesión, unha melancolía tan fonda que someteu a miña boa superiora a terribles probas. O seu talento abandonouna. Ela mesma mo confesou:

—Non sei –díxome– qué me pasa. Paréceme que, cando vós vides, Deus marcha e o seu espírito cala. É inútil que me excite, que busque ideas, que queira exaltar a miña alma, encóntrome unha muller ordinaria e de curto entendemento. Temo falar.

—Ah, querida madre –díxenlle–, ¡que presentimento! ¡Talvez foi Deus quen vos enmudeceu!

Un día que eu me atopaba máis confusa e abatida ca nunca, fun á súa cela. A miña presenza arrepiouna nun principio. Leu, ao parecer, nos meus ollos, en toda a miña persoa, que o sentimento profundo que eu sentía estaba por riba das súas forzas e ela non quería loitar sen a seguridade de vencer. Non obstante, faloume e pouco a pouco acendeuse. A medida que a miña dor desaparecía, o seu entusiasmo aumentaba; botouse de súpeto de xeonllos. Imiteina. Crin que ía compartir a súa éxtase, desexábao; pronunciou algunhas palabras; pero, sen máis, calou. Esperei inutilmente: non volveu falar. Ergueuse de novo desfeita en bágoas; colleume pola man e abrazándome:

—Ah, querida filla –díxome ela–, ¡que efecto cruel provocastes en min! Velaí o que pasou. O espírito retirouse, nótoo. Ídevos e que Deus vos fale El mesmo, pois non lle agrada facerse oír pola miña boca.

En efecto, non sei qué lle sucedeu: se eu lle inspirara unha desconfianza nas súas forzas que xa non se disipou, se a volvera tímida, ou se verdadeiramente rompera a súa relación co ceo; pero o poder de consolar non lle volveu máis. A véspera da miña profesión funa ver. Sentía unha melancolía igual á miña. Púxenme a chorar, e ela tamén; boteime aos seus pés, ela bendiciume, ergueume, abrazoume e mandoume de volta dicíndome:

—Estou cansa de vivir; desexo morrer. Pedinlle a Deus non ver este día pero esa non é a súa vontade. Ídevos, falarei coa vosa nai; pasarei a noite rezando, rezade vós tamén pero deitádevos. Ordénovolo.

—Permitídeme –respondinlle– que me una a vós.

—Permítovolo desde as nove e media ata as once, non máis. Ás nove e media empezarei a rezar e vós tamén; pero ás once deixarédesme rezar soa e vós descansaredes. Ide. Querida nena, velarei ante Deus o resto da noite.

Quixo rezar pero non puido. Eu durmía e, mentres, esta santa muller andaba polos corredores; chamou a cada porta; espertou as relixiosas e fíxoas baixar en silencio á igrexa. Todas acudiron e, cando estiveron reunidas, invitounas a pedirlle ao ceo por min. Esta oración fíxose primeiro en silencio, despois coas luces apagadas, recitaron todas xuntas o Miserere, excepto a superiora quen, prostrada ao pé dos altares, mortificouse cruelmente, dicindo:

—¡Deus! Se me abandonastes por algunha falta que cometín, perdoádeme. Non vos pido que me devolvades o don que me quitastes senón que vos dirixades Vós mesmo a aquela inocente que dorme, mentres eu pido aquí por ela. Meu Deus, faládelle. Faládelles aos seus pais e perdoádeme.

Ao día seguinte veu cedo á miña cela. Eu non oín nada, pois que aínda non estaba esperta. Sentou á beira da miña cama. Pousara lenemente unha das súas mans na miña fronte e observábame. A inquietude, a turbación e a dor sucedíanse no seu rostro, foi o que me pareceu cando abrín os ollos. Non me falou do que pasara durante a noite. Só me preguntou se me deitara cedo. Respondinlle:

—Á hora que vós me ordenastes.

Se descansara.

—Profundamente.

Así o esperaba. Preguntoume cómo me encontraba.

—Moi ben. ¿E vós, querida madre?

—¡Ai! –dime ela–, nunca vin a ninguén facerse relixioso sen inquietude, pero nunca experimentei tanta turbación coma por vós. Gustaríame que fósedes feliz.

—Se vós me queredes sempre, sereino.

—Ah, se só dependese diso... ¿Non pensastes en nada pola noite?

—Non.

—¿Non tivestes ningún soño?

—Ningún.

—¿Que sentides neste momento na vosa alma?

—Estou atordada. Obedezo o meu destino sen noxo e sen gusto. Sinto que o deber me arrastra e déixome ir. ¡Ah! querida madre, non sinto nada desa doce ledicia, dese estremecemento, desa melancolía, desa doce inquietude que notei algunhas veces nas que se encontran no momento no que estou. Estou aparvada. Non podería nin chorar. Así o queren, ten que ser, é a única idea que se me ocorre... Pero non me dicides nada.

—Non vin para falarvos senón para vervos e escoitarvos; espero a vosa nai. Tratade de non emocionarme; deixade que os sentimentos se acumulen na miña alma. Cando estea chea deles, deixareivos. Cómpre que estea calada. Coñézome... Teño poucos arranques pero son violentos; e non é con vós con quen deben gastarse. Repousade un pouco máis aínda para que vos vexa. Dicídeme só algunhas palabras e deixádeme coller o que veño buscar. Marcharei, e Deus fará o resto...

Calei. Recosteime sobre a almofada. Deille unha man que ela colleu. Parecía meditar, e meditar profundamente. Tiña os ollos pechados con esforzo. Algunhas veces abríaos, elevábaos ao alto e volvía pousalos sobre min. Axitábase. A súa alma enchíase de tumulto, compoñíase e volvía axitarse. En realidade, aquela muller nacera para ser profetisa. Tiña o aspecto e o carácter para selo. Fora guapa, pero a idade, afundíndolle os trazos e facéndolle grandes engurras, engadíralle dignidade á fisionomía. Tiña os ollos pequenos, pero parecían ou mirar para o seu interior ou atravesar os obxectos veciños e distinguir a gran distancia, sempre no pasado ou no futuro. Apertábame algunhas veces a man con forza. Preguntoume nun repente qué hora era.

—Logo serán as seis.

—Adeus, marcho. Van vir para vestirvos. Non quero estar aquí, iso distraeríame. Só me preocupa unha cousa, gardar moderación nos primeiros momentos.

Apenas saíra cando a madre das novicias e as súas compañeiras entraron. Quitáronme a roupa de relixiosa e volveron vestirme coa roupa do mundo. É un costume que coñecedes. Non entendía nada do que dicían ao meu redor. Estaba practicamente reducida ao estado de autómata. Non me daba conta de nada. Sufría, por intervalos, como pequenos movementos compulsivos. Dicíanme o que había que facer, moitas veces tiñan que repetirmo, pois eu non entendía á primeira, e facíao. Non é que estivese pensando noutra cousa senón que estaba absorta; tiña a cabeza cansa, coma cando se reflexiona en exceso. Mentres, a superiora conversaba coa miña nai. Nunca souben qué pasou naquela entrevista que durou tanto tempo, só me dixeron que cando se separaron, a miña nai estaba tan turbada que non podía encontrar a porta pola que entrara e que a superiora saíra cos puños pechados e apoiados contra a fronte.

Non obstante, as campás soaron. Baixei. A asemblea era pouco numerosa. Botáronme un sermón, ben ou mal, non entendín nada. Dispuxeron de min durante toda aquela mañá que foi nula na miña vida, pois nunca souben canto durara. Tampouco souben nin o que fixen nin o que dixen. Sen dúbida, fixéronme preguntas e, sen dúbida, contesteinas. Pronunciei os votos pero non teño ningunha memoria deles; e convertinme en relixiosa tan inocentemente como fun acristianada: comprendín tanto en toda a cerimonia da miña profesión coma na do meu bautismo, coa diferenza de que unha confire a graza e a outra supona... Ben, señor, aínda que non protestei en Longchamp como fixera en Sainte-Marie, ¿credes que estaba máis comprometida? Apelo ao voso xuízo. Apelo ao xuízo de Deus. Encontrábame nun estado de abatemento tan fondo que algúns días despois, cando me anunciaron que formaba parte do coro, non souben qué querían dicir. Preguntei se era certo que profesara. Quixen ver a sinatura dos meus votos; tiveron que unir a estas probas o testemuño de toda a comunidade e o dalgúns estraños que foran chamados á cerimonia. Dirixíndome varias veces á superiora, dicíalle: «¿É certo, entón...?», e sempre esperaba que ela me respondese: «Non, miña filla, engánanvos...» A súa seguridade reiterada non me convencía, xa que non podía concibir que do intervalo dun día enteiro, tan tumultuoso, tan variado, tan cheo de circunstancias singulares e impresionantes, non recordase nada, nin sequera o aspecto das que me serviran, nin do sacerdote que me dedicara o sermón nin daquel que recibira os meus votos. O cambio da roupa de relixiosa en roupa do mundo é a única cousa da que me acordo, desde ese momento estivera o que se chama psiquicamente alienada. Tiveron que pasar meses enteiros para recuperarme dese estado e é á prolongación desa especie de convalecencia ao que atribúo o esquecemento profundo do que pasou: é coma os que sufriron unha longa enfermidade, que falaron con xuízo, que recibiron os sacramentos e que, unha vez que recuperaron a saúde, non recordan nada. Vin varios exemplos no convento e díxenme a min mesma: velaí, polo que parece, o que me pasou o día que profesei. Pero falta saber se o home é responsable desas accións e se está implicado nelas aínda que pareza estalo.

Sufrín no mesmo ano tres perdas importantes: a do meu pai (ou mellor, do que pasaba por tal), era maior, traballara moito e consumiuse, a da miña superiora e a da miña nai.

Aquela digna relixiosa sentiu chegar, de lonxe, a súa hora. Condenouse ao silencio. Fixo que lle levasen o ataúde á súa estancia. Perdera o sono e pasaba os días e as noites a meditar e a escribir. Deixou quince meditacións que me parecen dunha extraordinaria beleza. Teño unha copia delas; se algún día tedes curiosidade por ver as ideas que ese momento suxire, enviaréivolas; titúlanse: Os derradeiros instantes da irmá de Moni.

Cando se achegaba a súa hora, fixo que a vestisen; estaba deitada na cama; administráronlle os últimos sacramentos mentres sostiña un crucifixo nos brazos. Era pola noite, e o resplandor dos candelabros iluminaba aquela escena lúgubre. Nós rodeabámola, desfaciámonos en lágrimas e a súa cela resoaba cos gritos cando, de repente, brilláronlle os ollos, ergueuse bruscamente e falou. A súa voz era case tan forte coma cando estaba sa; o don que perdera volveulle e repróchanos unhas bágoas que parecían envexarlle unha felicidade eterna.

—Miñas fillas, a vosa dor engánavos. É alá, alá –dicía ela sinalando o ceo– onde vos servirei; os meus ollos baixarán sen cesar sobre este convento; intercederei por vós e serei atendida. Achegádevos todas para que vos abrace; vinde recibir a miña bendición e o meu último adeus.

Foi pronunciando estas palabras como faleceu aquela rara muller que deixou tras de si nostalxias que nunca se extinguirán.

A miña nai morreu ao retorno dunha pequena viaxe que fixo sobre a fin do outono á casa dunha das súas fillas. Tivo pesadumes. A súa saúde debilitárase moito. Nunca souben o nome do meu pai nin a historia do meu nacemento. Aquel que fora o seu director espiritual e o meu entregoume de parte dela un paquetiño. Contiña cincuenta luíses cunha nota, envolveitos e cosidos nun anaco de tea. Na nota dicía:

«Miña filla, é pouca cousa, pero a miña conciencia non me permite dispor dunha suma maior. É o resto do que puiden aforrar dos pequenos presentes do señor Simonin. Vivide santamente. É o mellor incluso para a vosa felicidade neste mundo. Rogade por min. O voso nacemento é a única falta importante que cometín. Axudádeme a expiala, e que Deus me perdoe por vos traer ao mundo, en consideración ás boas obras que faredes. Sobre todo, non molestedes a familia; e aínda que a elección do estado que abrazastes non foi tan voluntaria como o desexaría, temede cambialo. ¡Oxalá estivese eu pechada toda a miña vida nun convento! Non estaría tan trastornada. Pensade, miña filla, que a sorte da vosa nai no outro mundo depende moito da conduta que teñades vós neste: Deus, que ve todo, aplicarame na súa xustiza todo o ben e todo o mal que fagades. Adeus, Suzanne. Non lle pidades cousa a vosas irmás. Non están en situación de vos socorrer. Non esperedes nada do voso pai, pois el precedeume. Viu o gran día. Estame esperando. A miña presenza será menos terrible para el cá del para min. Adeus outra vez; ¡ai, desgrazada nai!, ¡ai, desgrazada filla! As vosas irmás acaban de chegar. Non estou contenta con elas. Collen, levan. Teñen, á vista dunha nai que está para morrer, enfrontamentos de intereses que me aflixen. Cando se achegan ao meu leito, viro para o outro lado; ¿que vou ver nelas? dúas criaturas nas que a indixencia apagou o sentimento da natureza. Suspiran polo pouco que lles deixo; fanlle ao médico e á enfermeira preguntas indecentes, que reflicten con que impaciencia esperan o momento no que eu marche e que as fará donas de todo o que me rodea. Sospeitaron, non sei como, que podía ter algún diñeiro agochado no colchón; nada hai que non intentasen para facerme erguer, e conseguírono. Pero, afortunadamente, o meu depositario viñera a véspera e eu entregáralle este paquetiño coa carta que el escribiu baixo o meu ditado. Queimade a carta, e cando saibades que xa non vivo, o que sucederá pronto, ofrecede unha misa por min e renovade os vosos votos pois desexo que sigades sendo relixiosa. A idea de imaxinarvos no mundo sen auxilio, sen apoio e nova, acabará por confundir os meus derradeiros instantes.»

Meu pai morreu o cinco de xaneiro, a miña superiora na fin do mesmo mes, e miña nai a segunda festa de Nadal.

 

A irmá Sainte-Christine sucedeu no cargo á madre de Moni. ¡Ai, señor, que diferenza entre unha e outra! Xa vos dixen qué muller era a primeira. Estoutra tiña mal carácter, unha mente limitada e chea de supersticións; entregábase a novas opinións; tiña xuntanzas cos sulpicianos, cos xesuítas; colleulles aversión a todas as favoritas da súa antecesora. En pouco tempo, o convento estivo cheo de confusión, odios, maledicencias, acusacións, calumnias e persecucións; tivemos que aplicarnos en cuestións de teoloxía das que non entendiamos nada, subscribir fórmulas e dobregarnos a prácticas singulares. A madre de Moni non aprobaba exercicios de penitencia que se aplicasen sobre o corpo. Ela só se mortificara dúas veces na súa vida: unha vez a véspera da miña profesión; a outra, nunha circunstancia semellante. Dicía desas penitencias que non corrixían ningún defecto e que non servían máis que para dar orgullo. Quería que as súas relixiosas se portasen ben e que tivesen o corpo san e o espírito sereno. A primeira cousa que fixo, cando tomou o cargo, foi a de pedir que lle entregasen todos os cilicios, coas disciplinas, e prohibir que se alterasen os alimentos con cinsa, deitarse no chan e proverse de ningún deses instrumentos. A segunda madre, polo contrario, devolveulle a cada relixiosa o seu cilicio e a súa disciplina e mandou retirar o Novo e o Antigo Testamento. As favoritas do reinado anterior nunca son as favoritas do reinado seguinte. Eu funlle indiferente, por non dicir nada peor, á superiora actual, pola mesma razón pola que a predecesora me quixera. Pero non tardei en empeorar a miña sorte mediante accións que vós chamaredes imprudencia ou firmeza segundo a perspectiva coa que as consideredes. A primeira foi a de abandonarme a toda a dor que sentía pola perda da nosa primeira superiora, eloxiala en toda circunstancia, establecer, entre ela e a que nos gobernaba, comparacións que non eran favorables a esta, describir o estado do convento dos anos anteriores, recordar a paz da que gozabamos, a indulxencia que había para nós, o alimento tanto espiritual como temporal que se nos administraba entón e exaltar os costumes, os sentimentos e o carácter da irmá de Moni. A segunda foi a de botar ao lume o cilicio e desfacerme da disciplina, recomendarlles o mesmo ás miñas amigas e animar a algunhas a seguir o meu exemplo. A terceira, fornecerme dun Antigo e un Novo Testamento. A cuarta, declinar toda decisión e aterme ao título de cristiá sen aceptar o nome de xansenista ou de molinista. A quinta, cinguirme rigorosamente á regra do convento, sen aceptar facer nada máis nin nada menos e, consecuentemente, non me prestar a ningunha acción subrogatoria, as obrigatorias xa me parecían demasiado duras; non subir ao órgano máis que nos días de festa; cantar só cando estaba no coro; non consentir nunca máis que se abusase da miña compracencia e do meu talento e que se me metese a todo e todos os días. Lin as constitucións; volvinas ler; aprendinas de memoria. Se me ordenaban algo que non estivese expresado nelas claramente, ou que fose ou me parecese contrario, negábame a facelo con firmeza. Collía o libro e dicía:

—Velaí as obrigas que aceptei; e non aceptei outras.

O meu discurso atraeu a algunhas. A autoridade das que mandaban viuse moi limitada, xa non podían dispor de nós como das súas escravas. Non había case ningún día sen algunha escena escandalosa. En caso de dúbida, as miñas compañeiras consultábanme, e eu estaba sempre a favor da regra e contra o despotismo. Enseguida gañei o aspecto e quizais tamén un pouco o comportamento dunha facciosa. Os grandes vicarios do señor arcebispo eran chamados sen descanso. Eu comparecía. Defendíame. Defendía ás miñas compañeiras, e nin unha soa vez me condenaron, tal era o coidado que tomaba en poñer a razón do meu lado. Era imposible que me atacasen polos meus deberes porque os cumpría escrupulosamente. En canto aos pequenos favores que unha superiora ten liberdade de outorgar ou de refugar, eu non pedía ningún; non aparecía ao locutorio e, en canto ás visitas, non coñecía nin recibía a ninguén. Pero queimara o cilicio e tirara a disciplina; aconselláralles o mesmo ás demais; non quería oír falar de xansenismo nin de molinismo nin ben nin mal. Cando me preguntaban se era submisa á constitución, respondía que o era á Igrexa; se aceptaba a bula, que aceptaba o Evanxeo. Revisaron a miña cela; descubriron nela o Antigo e o Novo Testamento. Escapáranseme algunhas palabras indiscretas sobre a sospeitosa intimidade dalgunhas das favoritas. A superiora tiña entrevistas moi longas e frecuentes cun mozo eclesiástico, e eu puxera en dúbida a razón e o pretexto delas. Non omitín nada do que me podía facer temer, odiar, arruinarme, e logreino. Xa non se queixaban de min ante os superiores, pero dedicábanse a facerme a vida difícil. Prohibíronlles ás outras relixiosas que se me achegasen e, en pouco tempo, encontreime soa. Como tiña algunhas amigas; temeron que intentasen achegárseme, ás agachadas, para resarcirse da coacción que se lles impoñía e que, non podendo conversar comigo de día, fosen visitarme pola noite ou a horas prohibidas. Espíannos; sorprendéronme ben con unha, ben con outra. Fixeron desta imprudencia todo o que quixeron e fun castigada por ela da maneira máis inhumana: condenáronme semanas enteiras a pasar o oficio de xeonllos, separada do resto, no medio do coro; a vivir con pan e auga; a permanecer pechada na miña cela; a desempeñar as funcións máis abxectas do convento. As que foron chamadas miñas cómplices non foron mellor tratadas. Cando non me podían descubrir nalgunha falta, supoñíanma. Dábanme ordes incompatibles e castigábanme por non cumprilas. Adiantaban as horas dos oficios, das comidas, alteraban, sen eu sabelo, toda a conduta claustral, e con toda a intención, encontrábanme todos os días culpable e todos os días era castigada. Teño valor, pero non tanto como para soportar o abandono, a soidade e a persecución. As cousas chegaron ao punto de se converter nun xogo atormentarme. Era a diversión de cincuenta persoas xuntas. Éme imposible entrar no detalle desas maldades. Impedíanme durmir, velar e rezar. Un día, roubábanme partes da miña vestimenta; outra vez, eran as chaves e o breviario; a miña pechadura aparecía atoada; impedíanme facer ben as cousas ou estragábanme as que xa fixera; supoñíanme palabras e accións. Volvíanme responsable de todo, e a miña vida era unha serie continua de delictos, reais ou supostos, e de castigos. A miña saúde non soportou probas tan longas nin tan duras, así que caín no abatemento, na pena e na melancolía. Ao principio, ía buscar forza ao pé dos altares e algunhas veces encontrábaa. Flotaba entre a resignación e a desesperación, agora someténdome a todo o rigor da miña sorte, agora pensando en liberarme del por violentos medios. Había, no fondo do xardín, un pozo moi fondo. ¡Cantas veces fun alí! ¡Cantas veces o mirei! Había ao lado un banco de pedra, ¡cantas veces me sentei nel, coa cabeza apoiada no bordo dese pozo!, ¡cantas veces, na axitación das miñas ideas, me erguín de súpeto e resolta a acabar coas miñas penas! ¿Que foi o que me retivo? ¿Por que prefería, entón, chorar, gritar, pisar o veo, arrincar o pelo, esgazar a cara coas unllas? Se era Deus quen impedía que me perdese, ¿por que non paraba tamén todos aqueles outros movementos? Vouvos dicir unha cousa que vos parecerá moi estraña quizais pero non por iso menos certa. Non teño dúbida de que as miñas frecuentes visitas ao pozo foron observadas e que as miñas crueis inimigas fachendeaban de que un día cumpriría un propósito que ardía no fondo do meu corazón. Cando ía alí, finxían afastarse e mirar cara a outro lado. Varias veces encontrei a porta do xardín aberta a horas nas que debía estar pechada; sobre todo, os días nos que se multiplicaran sobre min as penas, se forzara ata o extremo a violencia do meu carácter e me supoñían o espírito alienado. Pero tan pronto crin adiviñar que aquel medio de deixar a vida lle era, por así dicir, ofrecido á miña desesperación, que me conducían a aquel pozo pola man e que sempre o encontraría presto a recibirme, xa non me importou máis. O meu espírito dirixiuse a outros lados; quedaba nos corredores e medía a altura das ventás; pola noite, mentres me espía, probaba sen pensalo a forza das ligas. Outro día, rexeitaba a comida. Baixaba ao refectorio e permanecía coas costas apoiadas contra a parede, as mans colgando a cada lado, os ollos pechados, e non lle tocaba ao prato que me serviran diante. Abstraíame tan completamente nese estado que todas as relixiosas saían e eu quedaba. Finxían, entón, saír sen ruído e deixarme alí. Despois, castigábanme por non asistir aos exercicios. ¿Que vos vou dicir? aborrecín case todos os medios de me quitar a vida porque me pareceu que, lonxe de opoñérense, ofrecíanmos. Polo que parece, non queremos que nos empuxen fóra deste mundo, e talvez eu xa non estaría nel se tivesen intentado reterme. Cando un se suicida quizais busque desesperar aos demais e conserva a vida cando cre satisfacelos. Son impulsos que se dan moi sutilmente en nós. En realidade, se é posible que lembre o meu estado cando estaba á beira do pozo, paréceme que lles gritaba dentro de min a aquelas desgrazadas que se afastaban para favorecer un crime: «Dade un paso cara a min, amosádeme o menor desexo de salvarme, correde para reterme e estade seguras de que chegaredes tarde.» Certamente, non vivía máis que para que elas desexasen a miña morte. A obstinación en atormentar e en arruinar esgótase no mundo pero non nos claustros.

Estaba así cando, recordando o meu pasado, comecei a pensar en retractarme dos meus votos. Ao principio, penseino lixeiramente; soa, abandonada, sen apoio, ¿cómo ía ter éxito nun proxecto tan difícil mesmo con todas as axudas que me faltaban? Con todo, esa idea tranquilizoume, o meu espírito calmouse, tiña máis dominio de min. Evitaba as penas e soportaba con máis paciencia as que me viñan. Notaron ese cambio e asombráronse. A maldade parou de repente, como un inimigo covarde que vos persegue e a quen lle facedes fronte no momento no que el non o esperaba. Unha pregunta, señor, que vos teño que facer, é a de por qué entre todas as ideas funestas que pasan pola cabeza dunha relixiosa desesperada non está a de plantarlle lume ao convento. Non a tiven eu nin outras tampouco, aínda que sexa a cousa máis fácil de levar a cabo; só é preciso levar un facho a un silo, a un leñeiro ou a un corredor un día de vento. Non hai conventos queimados aínda que neses eventos as portas se abran e sálvase quen pode. ¿Non será que se teme o perigo para unha mesma e para aquelas que se aman e que se despreza un recurso que se compartiría con aquelas que odiamos? Esta última idea é demasiado sutil para ser verdade.

Á forza de pensar nunha cousa, empezamos a vela como xusta e mesmo como posible. Cando é así, sentímonos ben fortes e seguros de nós mesmos. Foi cousa de quince días para min. O meu pensamento vai rápido. ¿Que había que facer? Escribir unha memoria e dala para consultar; un e o outro comportaban perigo. Desde que se producira unha revolución na miña cabeza, observábanme con máis atención ca nunca e de cerca. Non daba un paso que non fose investigado. Non dicía unha palabra que non fose examinada. Achegábanse a min. Finxían conmiseración e amizade. Falaban do meu pasado. Acusábanme sutilmente. Escusábanme. Esperaban unha conduta mellor, afagábanme cun futuro máis doce. Non obstante, entraban a todo momento na miña cela, de día e de noite, con escusas, bruscamente, secretamente; entreabrían as cortinas e retirábanse. Adquirira o hábito de deitarme vestida. Tiña outro aínda, o de escribir a miña confesión. Aqueles días, que estaban marcados, ía pedirlle tinta e papel á superiora, quen non mos rexeitaba. Esperei o día da confesión entón e, mentres o esperaba, redactaba na miña cabeza o que tiña que expoñer. Era, en resumo, todo o que vos acabo de escribir. Só que me expresei baixo nomes falsos. Cometín tres descoidos. O primeiro, dicirlle á superiora que tería moitas cousas que escribir, e pedirlle, baixo ese pretexto, máis papel do que concedían; o segundo, ocuparme da miña memoria e deixar a confesión; e o terceiro, non escribindo a confesión e non estando preparada para este acto de relixión, permanecer no confesionario só un momento. Todo isto foi notado e deduciron que o papel que pedira fora usado para outra cousa distinta á que dixera. Dado que non servira para a miña confesión, como era evidente, ¿que uso lle dera? Sen saber que se inquietarían, intuín que non debían encontrar na miña cela un escrito desa importancia; nun principio, pensei coselo á miña almofada ou no colchón; despois, escondelo na miña roupa; enterralo no xardín, tiralo ao lume. Non poderiades crer que apurada me sentín para escribilo e que perturbada cando estivo escrito. Ao principio oculteino. Despois gardeino no meu seo, e acudín á chamada do oficio. Sentía unha inquietude que se revelaba nos meus movementos. Estaba sentada ao lado dunha relixiosa nova que me quería ben. Algunhas veces, víraa observarme con compaixón e chorar: non me falaba pero, con certeza, sufría. Arriscándome a todo o que podía suceder, decidín confiarlle o meu papel. Nun momento da oración, no que todas as relixiosas se poñen de xeonllos, inclínanse, e quedan coma noiros nas cadeiras do coro, tirei con coidado o papel do meu seo e tendinllo por detrás. Ela colleuno e meteuno no seu. Este foi o favor máis grande que me fixo pero fixérame moitos outros. Encargárase, durante meses enteiros, de levantar, sen comprometerse, todos os pequenos obstáculos que lles achegaban aos meus deberes para ter dereito a castigarme. Viña chamar á miña porta cando era hora de saír; volvía arranxar o que desordenaran; ía chamar ou responder cando había que ir; estaba por todas partes onde debía estar eu. Eu ignoraba todo iso.

Fixen ben en tomar esa decisión. pois cando saímos do coro, a superiora díxome:

—Irmá Suzanne, seguídeme.

Eu seguina. Despois, parándose no corredor ante outra porta:

—Velaí –díxome–, a vosa cela. A irmá Saint-Jérôme ocupará a que tiñades.

Entrei, e ela tamén. Estabamos ambas sentadas, sen falar, cando unha relixiosa apareceu cuns hábitos que pousou sobre unha cadeira, e a superiora díxome:

—Sor Suzanne, espídevos e poñede esta roupa.

Obedecín e fíxeno na súa presenza. Mentres, ela estaba atenta a todos os meus movementos. A irmá que trouxera a miña roupa estaba á porta. Entrou, colleu a que quitara e marchou; e a superiora seguiuna. Non me dixeron a razón dese proceder nin eu a preguntei. Non obstante, buscaron por todas partes na miña cela; descoseron o cabezal e o colchón; moveron todo aquilo que podía moverse ou terse movido; seguiron as miñas pegadas; foron ao confesionario, á igrexa, ao xardín, ao pozo, ao banco de pedra. Vin unha parte destas buscas e supuxen o resto. Non encontraron nada pero non quedaron, con iso, menos convencidas de que pasaba algo. Continuaron a espiarme durante varios días, ían a onde fora, miraban por todas partes pero inutilmente. Á fin, a superiora creu que só era posible saber a verdade por min. Entrou un día na miña cela e díxome:

—Sor Suzanne, tedes defectos pero non o de mentir. Dicídeme a verdade, ¿que fixestes con todo o papel que vos dei?

—Señora, xa volo dixen.

—Non pode ser, porque me pedistes moito e só estivestes un momento no confesionario.

—É certo.

—¿Que fixestes con el, entón?

—O que vos dixen.

—Ben, xurádeme, pola santa obediencia que lle prometestes a Deus, que é así e, malia as aparencias, crereivos.

—Señora, non vos está permitido esixir un xuramento por unha cousa tan trivial nin me está permitido a min facelo. Non podo xurar.

—Enganádesme, sor Suzanne, e non sabedes ao que vos expoñedes. ¿Que fixestes co papel que vos dei?

—Xa volo dixen.

—¿Onde está?

—Xa non o teño.

—¿Que fixestes con el?

—O que se fai con ese tipo de escritos, que son inútiles despois de que un se valeu deles.

—Xurádeme, pola santa obediencia, que o empregastes todo para escribir a vosa confesión e que xa non o tedes.

—Señora, repítovolo, non podería xurar esta outra cousa, ao non ser máis importante cá primeira.

—Xurade –dime ela– ou...

—Non xurarei.

—¿Non ides xurar?

—Non, señora.

—¿Sodes, entón, culpable?

—¿E de que podo ser culpable?

—De todo. Non hai nada do que non sexades capaz. Finxistes loar a que me precedeu para rebaixarme; desprezastes os costumes que ela proscribira, as leis que abolira e que eu crin que debía restablecer; sublevastes a toda a comunidade; transgredistes as regras; sementastes a discordia entre os espíritos; faltastes a todos os deberes; forzástesme a castigarvos, a vós e ás que seducistes, que é o que máis me custa. Podería obrar con severidade contra vós polas vías máis duras pero velei por vós. Crin que recoñeceriades os vosos erros, que retomariades o espírito do voso estado e que volveriades a min. Non o fixestes. Algo malo sucede no voso espírito. Tedes algún proxecto. O interese do convento esixe que eu o coñeza e coñecereino, asegúrovolo ... Sor Suzanne, dicídeme a verdade.

—Xa vola dixen.

—Vou saír. Temede a miña volta, voume sentar, aínda vos dou un momento para que vos decidades. Os vosos papeis, se existen.

—Xa non os teño.

—Ou o xuramento de que non conteñen máis cá vosa confesión.

—Non podería facelo.

Permaneceu un momento en silencio. Despois saíu e entrou con catro das súas favoritas. Tiñan un aspecto extraviado e furioso. Boteime aos seus pés. Imploreilles misericordia... Gritaban todas á vez:

—Nada de misericordia. Señora, non vos deixedes conmover. ¿Que entregue o papel ou que vaia en paz...!

Abraceime aos xeonllos tanto dunha como da outra. Dicíalles, chamándoas polo seu nome:

—Irmá Sainte-Agnès, irmá Sainte-Julie, ¿que vos fixen eu?, ¿por que irritades a miña superiora contra min? ¿Foi así como actuei eu? ¿Cantas veces non supliquei eu por vós? Xa non vos acordades. Vós estades en pecado pero non eu...

A superiora, inmóbil, observábame e dicíame:

—Entrega os papeis, desgrazada, ou revela o que contiñan.

—Señora –dicíanlle elas–, non llos pidades máis. Sodes demasiado boa. Non a coñecedes. É unha alma indócil da que só se consegue algo por medios extremos. É ela quen vos fai actuar así. Peor para ela. Ordenade que a ispamos e que entre no lugar destinado ás súas semellantes.

—Miña querida madre –dicíalle eu–, eu non fixen nada que puidese ofender nin a Deus nin ós homes. Xúrovolo.

—Non é ese o xuramento que quero.

—Escribiríalle contra vós e contra nós, algunha memoria ao gran vicario, ao arcebispo; sabe Deus como pintaría o interior do convento. O mal crese con facilidade. Señora, hai que dobregar esta criatura se non queredes que ela nos dobregue a nós.

A superiora engadiu:

—Sor Suzanne, mirade...

Erguinme bruscamente e díxenlle:

—Señora. Xa vin todo. Sinto que me vou arruinar, pero un momento antes ou despois..., non paga a pena darlle importancia. Facede de min todo o que vos praza, escoitade o seu furor; consumade a vosa inxustiza.

E, ao instante, tendinlles os brazos. As súas compañeiras agarráronme por eles. Arrincáronme o veo. Espíronme sen pudor. Encontraron no meu seo un retratiño da miña antiga superiora. Colléronmo. Supliqueilles que me permitisen bicalo unha vez máis pero negáronmo. Tiráronme a camisa e as medias, cubríronme cun saco e leváronme coa cabeza e os pés nus polos corredores. Eu gritaba, pedía auxilio pero tocaran a campá para avisar que ninguén aparecese. Invoquei o ceo. Caera e arrastrábanme. Cando cheguei ao baixo das escaleiras, tiña os pés ensanguentados e as pernas feridas, estaba nun estado que conmovería a unhas almas de pedra. Abriron cunhas grandes chaves a porta dun pequeno lugar subterráneo, escuro, onde me tiraron sobre unha esteira que a humidade tiña medio podrecida. Alí encontrei un anaco de pan negro e un porrón de auga con algúns recipientes necesarios e bastos. A esteira enrolada por un cabo facía a función dunha almofada; había, sobre un bloque de pedra unha caveira cun crucifixo de madeira. O meu primeiro impulso foi o de suicidarme. Levei as mans á gorxa. Rompín a roupa cos dentes. Dei uns gritos terribles. Gritei coma unha besta feroz. Golpeei a cabeza contra as paredes. Enchinme de sangue; intentei destruírme ata que as forzas me faltasen, o que non tardou en suceder. Pasei alí tres días. Crin que quedaría alí para toda a miña vida. Todas as mañás, unha das miñas executoras viña e dicíame:

—Obedecede á nosa superiora e sairedes de aquí.

—Non fixen nada. Non sei que se me pide. Irma Saint-Clément, hai un Deus...

Ao terceiro día, sobre as nove da noite, abriron a porta. Eran as mesmas relixiosas que me levaran alí. Tras o eloxio das bondades da nosa superiora, anunciáronme que me perdoara e que me ían liberar.

—É demasiado tarde –díxenlles eu–. Deixádeme, quero morrer aquí.

Pero xa me ergueran e arrastrábanme. Volveron levarme á cela, onde encontrei a miña superiora.

—Consultei a Deus sobre a vosa sorte e el conmoveu o meu corazón. Quere que teña piedade de vós e obedézolle. Poñédevos de xeonllos e pedídeme perdón.

Púxenme de xeonllos e dixen:

—Meu Deus, pídovos perdón polas faltas que cometín, como vós o pedistes na cruz por min.

—¡Que orgullo! –protestaron–. Compárase con Xesús Cristo e compáranos a nós cos xudeus que o crucificaron.

—Non me examinedes a min –díxenlles–, examinádevos e xulgade.

—Iso non é todo –díxome a superiora–. Xurádeme pola santa obediencia que non falaredes xamais do que pasou.

—O que fixestes está, entón, moi mal xa que me esixides por xuramento que garde silencio. Ninguén saberá nunca nada agás a vosa conciencia, xúrovolo.

—¿Xurádelo?

—Si, xúrovolo.

Feito iso, despoxáronme da roupa que me deran e deixáronme vestir a miña.

A humidade afectárame. Estaba nunha situación crítica. Tiña todo o corpo contusionado. Desde había varios días non tomara máis que unhas gotas de auga cun pouco de pan. Crin que esta persecución sería a última que tería que sufrir. Polo efecto momentáneo desas sacudidas violentas, que amosan a forza que ten a natureza na xente moza, recupereime en moi pouco tempo e encontrei, cando reaparecín, toda a comunidade convencida de que estivera enferma. Retomei os exercicios do convento e o meu lugar na igrexa. Non me esquecera do meu papel nin da relixiosa nova a quen llo confiara. Estaba segura de que ela non abusara daquel depósito, pero que non o gardara sen inquietude. Algúns días despois de saír da prisión, no coro, no momento mesmo no que eu llo dera, é dicir, cando nos poñemos de xeonllos e, inclinadas unhas sobre as outras, desaparecemos nas cadeiras do coro, sentín que me tiraban suavemente pola roupa. Tendín a man e recibín unha nota que só contiña estas palabras:

—¡Que intranquila me tivestes! E ese cruel papel, ¿que teño que facer con el?

Despois de ler esta nota, enroleina nas mans e tragueina. Todo iso pasou ao comezo da coresma. Achegábase o tempo no que a curiosidade de escoitar atrae a Longchamp a boa e a mala compañía de París. Eu tiña a voz moi bonita e apenas a perdera. Nas casas relixiosas estase atento aos máis pequenos intereses. Gocei dalgunhas deferencias. Gocei dun pouco máis de liberdade e as irmás ás que lles ensinaba a cantar puideron achegarse a min sen consecuencias. Aquela a quen eu lle confiara a miña memoria era unha delas. Nas horas de recreo que pasabamos no xardín, levábaa á parte e facíaa cantar. E mentres ela cantaba, díxenlle:

—Vós coñecedes moita xente..., eu non coñezo a ninguén... Non quero comprometervos. Preferiría morrer aquí que expoñervos á sospeita de me ter axudado. Miña amiga, estariades perdida, seino, iso non me salvaría; e, aínda que a vosa ruína me salvase, non querería a miña salvación a ese prezo.

—Deixemos iso –díxome–, ¿que hai que facer?

—Hai que facerlle chegar con seguridade esta consulta a algún hábil avogado, sen que saiba de que convento procede, e obter unha resposta que me traeredes á igrexa ou a outra parte.

—A propósito, ¿que fixestes coa miña nota?

—Estade tranquila, tragueina.

—Estade tranquila vós tamén. Pensarei no voso problema...

Tede en conta, señor, de que eu cantaba mentres ela me falaba e que ela cantaba mentres eu lle respondía e que a nosa conversa era entrecortada por treitos de canto. Esta rapaza, señor, aínda está no convento. A súa fortuna está nas vosas mans. Se se chegase a descubrir o que fixo por min, non habería ningún tipo de tormento ao que non quedase exposta. Non querería terlle aberto a porta dunha prisión. Preferiría entrar eu nunha. Polo tanto, queimade estas cartas, señor, pois á parte do interese que tedes pola miña sorte, non conteñen nada que valla a pena conservar.

Velaí o que vos dicía entón; pero, ¡ai!, ela xa non está e eu permanezo soa.

Non tardou en cumprir a súa palabra e en informarme segundo a nosa maneira habitual. Chegou a Semana Santa. A concorrencia ás nosas tebras foi numerosa. Cantaba bastante ben como para excitar eses escandalosos aplausos que lles dan aos comediantes nas salas de espectáculo, e que nunca se deberían oír nos templos do Señor, sobre todo, durante os días solemnes e lúgubres nos que se celebra a memoria do seu fillo sobre a cruz para a expiación dos crimes do xénero humano. As miñas novas alumnas estaban ben preparadas; algunhas tiñan boa voz, case todas boa expresión e inclinación e pareceume que o público as escoitara con pracer e que a comunidade estaba satisfeita do éxito do meu esmero.

Sabedes, señor, que o xoves trasládase o Santo Sacramento do sagrario a un lugar de descanso particular onde queda ata o venres pola mañá. Este intervalo énchese coas sucesivas adoracións das relixiosas, que se dirixen ao lugar unhas atrás das outras ou de dúas en dúas. Unha táboa indícalle a cada unha a súa hora de adoración. Que contenta me puxen ao ler: A irmá Sainte-Suzanne e a irmá Sainte-Ursule, desde as dúas ata as tres da mañá. Dirixinme ao lugar de descanso á hora marcada; a miña compañeira estaba alí. Colocámonos unha ao lado da outra sobre os chanzos do altar. Prosternámonos xuntas. Adoramos a Deus durante media hora. Ao cabo dese tempo, a miña nova amiga tendeume a man e apertouma, dicíndome:

—Talvez non teñamos nunca máis a ocasión de conversar tanto tempo e tan libremente; Deus coñece a coacción na que vivimos e perdoaranos se compartimos un tempo que lle debemos todo enteiro. Non lin a vosa memoria pero non é difícil adiviñar qué contén. Terei a resposta inmediatamente. Pero se esta resposta vos autoriza a proseguir coa anulación dos vosos votos, ¿non vedes que será necesario que teñades entrevistas con xente da lei?

—É verdade.

—¿Que necesitaredes liberdade?

—É verdade.

—¿E que se actuades ben, aproveitaredes as disposicións presentes para procurala?

—Pensei niso.

—¿Farédelo, entón?

—Xa verei.

—Outra cousa: de empezar o voso proceso, permaneceredes aquí abandonada a todo o furor da comunidade, ¿previstes as persecucións que vos esperan?

—Non serán meirandes cás que sufrín.

—Non sei nada diso.

—Perdoádeme. En principio, non ousarán dispor da miña liberdade.

—¿E por que?

—Porque entón estarei baixo a protección das leis. Terán que deixar que me veñan ver. Estarei, por así dicir, entre o mundo e o claustro. Terei a boca aberta e a liberdade de queixarme. Poreivos por testemuñas a todas. Non ousarán ter culpas das que eu me poida queixar. Terán coidado de non complicar o caso. Non desexaría nada mellor ca que se portasen mal comigo, pero non o farán. Estade segura de que tomarán unha conduta totalmente oposta. Rogaranme, amosaranme o dano que me vou facer a min mesma e ao convento e estade segura de que só chegarán ás ameazas cando vexan que a dozura e a seducción non poden facer nada e que se absterán do uso da forza.

—É incrible que sintades tanta aversión por un estado do que cumprides tan fácil e escrupulosamente os deberes.

—Sinto esa aversión; levábaa ao nacer e non deixarei de sentila. Acabarei sendo unha mala relixiosa. Teño que previr ese momento.

—¿E se por desgracia fracasades?

—Se fracaso, pedirei cambiar de convento ou morrerei neste.

—Sófrese moito tempo antes de morrer. ¡Ah!, miña amiga, a vosa dilixencia faime estremecer. Temo que os vosos votos sexan anulados e tamén que non o sexan. Se o son, ¿que vai ser de vós?, ¿que ides facer vós no mundo? Tedes boa presenza, intelixencia e talento, pero din que non levan a nada coa virtude; e sei que nunca prescindiredes desta última calidade.

—Facédesme xustiza pero non lla facedes á virtude. Eu só conto con ela. Canto máis rara é entre os homes, mellor considerada debe ser.

—Lóana pero non fan nada por ela.

—É ela a que me anima e a que me sostén no meu proxecto. Sexa o que sexa o que me obxecten, respectarán os meus costumes. Non dirán, polo menos, como da maioría das outras, que son arrastrada fóra do meu estado por unha paixón irregular. Non vexo nin coñezo a ninguén. Pido ser libre porque o sacrificio da miña liberdade non foi voluntario. ¿Lestes a miña memoria?

—Non, abrín o paquete que me destes e como non levaba enderezo pensei que era para min, pero as primeiras liñas desenganáronme e non seguín adiante. ¡Que ben inspirada estivestes ao darma! Un momento máis tarde e encontraríanvola a vós. Pero a hora de acabar a nosa estación achégase, prosternémonos para que as que nos van suceder nos encontren na situación na que debemos estar. Rogádelle a Deus que vos ilumine e que vos conduza. Vou unir a miña oración e os meus suspiros aos vosos...

Eu tiña a alma un pouco aliviada. A miña compañeira rezaba de pé. Eu axeonlleime coa fronte apoiada no último chanzo do altar e os brazos estendidos sobre os banzos superiores. Creo que nunca me dirixín a Deus con máis consolación e fervor. O corazón palpitábame con violencia. Nun instante, esquecinme de todo o que me rodeaba. Non sei canto tempo permanecín nesta posición nin canto tempo permanecería pero ofrecinlles un espectáculo ben conmovedor, é preciso crelo, á miña compañeira e ás dúas relixiosas que viñeron de improviso. Cando me volvín erguer, crin que estaba soa. Equivocábame. Estaban as tres colocadas detrás miña, de pé e chorando. Non se atreveran a interromperme. Esperaban a que saíse eu mesma do estado de éxtase e de efusión no que me vían. Cando virei para o seu lado, o meu rostro tiña sen dúbida un aspecto ben impoñente, a xulgar polo efecto que produciu sobre elas e polo que engadiron: que eu lles recordaba así a nosa anciá superiora, cando nos consolaba e que o verme lles causara o mesmo estremecemento. Se tivese algunha inclinación á hipocrisía ou ao fanatismo e quixese representar un papel no convento, non dubido de que tería éxito. A miña alma acéndese facilmente, exáltase, conmóvese. Aquela boa superiora díxome cen veces abrazándome que ninguén amaría a Deus coma min, que tiña un corazón de carne e as outras un corazón de pedra. É certo que experimentaba unha facilidade extrema para compartir a súa éxtase e que nas oracións que ela rezaba en voz alta, algunhas veces sucedíame que tomaba a palabra, seguía o fío das súas ideas e dicía, como por inspiración, unha parte do que diría ela mesma. As demais escoitábana en silencio ou seguíana, en cambio, eu interrompíaa, adiantábame ou falaba con ela. Conservaba durante moito tempo a impresión que tomara e era como se lle tivese que restituír algo dela, pois, se se notaba nas outras que conversaran con ela, discerníase nela que conversara comigo. Pero, ¿que significa iso cando non se ten vocación? Unha vez que a nosa quenda acabou, cedémoslle o lugar ás que nos sucedían; a miña nova compañeira e mais eu abrazámonos moi tenramente, antes de separarnos.

Esta escena foi moi comentada no convento. Engadídelle a iso o éxito das nosas tebras do Venres Santo. Cantei. Toquei o órgano. Fun aplaudida. ¡Oh, cabezas loucas das relixiosas! Non tiven que facer case nada máis para reconciliarme con toda a comunidade. Viñeron onda min, a superiora a primeira. Algunhas persoas leigas quixeron coñecerme; isto cadraba demasiado ben co meu proxecto como para negarme. Vin o primeiro presidente, a señora de Soubise e unha tropa de xente honesta, monxes, cregos, militares, maxistrados, mulleres piadosas, mulleres do mundo e, entre todos eles, esa especie de aloucadas que vós chamades talóns vermellos e que logo despedín. Non cultivei máis ca aquelas amizades que non me podían obxectar. Deixeilles o resto a aquelas das nosas relixiosas que non eran tan difíciles.

Esquecíame dicirvos que a primeira marca de bondade que me deron foi a de volver establecerme na miña cela. Tiven a coraxe de reclamar o retratiño da nosa antiga superiora e non a tiveron de negarmo. Recuperou o seu lugar sobre o meu corazón onde permanecerá mentres viva. Cada mañá, o meu primeiro movemento é o de dirixir a miña alma a Deus, o segundo o de bicalo. Cando quero rezar e sinto a alma fría, sácoo do meu colo, colócoo diante miña; míroo e el inspírame. É unha pena que non coñecésemos os santos personaxes dos que están expostos os simulacros para que os veneremos. Causarían en nós outra impresión. Non nos deixarían, aos seus pés ou diante deles, tan fríos como permanecemos.

Chegoume a resposta á miña memoria dun tal señor Manouri, e non era nin favorable nin desfavorable. Antes de pronunciarse sobre o asunto, pedía un gran número de aclaracións difíciles de satisfacer sen velo. Eu presenteime entón e invitei o señor Manouri a dirixirse a Longchamp. Estes señores dificilmente se desprazan. Malia iso, el veu. Conversamos durante moito tempo. Acordamos unha correspondencia pola que el me faría chegar, con seguridade, as súas preguntas e eu lle enviaría as miñas respostas. Pola miña parte investía todo o tempo que el lle dedicaba ao meu caso en dispor os ánimos a interesarse pola miña sorte e buscar protección. Dei o meu nome, revelei a miña conduta no primeiro convento no que vivira; o que sufrira na casa paterna, as penas que me causaran no convento, a miña reclamación en Sainte-Marie, a miña estancia en Longchamp, a miña toma de hábitos, a miña profesión, a crueldade coa que fora tratada desde que consumara os meus votos. Sentiron mágoa por min. Ofrecéronme axuda. Retiven a boa vontade que me testemuñaban, para o momento no que podería necesitala, sen dar máis explicacións. Nada de todo isto transcendeu no convento. Obtivera de Roma o permiso de retractarme dos meus votos. Inmediatamente, ía ser emprendida unha acción sobre a que tiña unha total seguridade. Déixovos, entón, que pensedes en cal foi a sorpresa da miña superiora, cando lle comunican, en nome da irmá Marie-Suzanne Simonin, unha retractación de votos coa petición de deixar os hábitos relixiosos e saír do claustro para dispor da propia liberdade segundo xulgase a propósito.

Previra que ía encontrar varios tipos de oposición, a das leis, a do convento e a dos meus cuñados e irmás alarmadas. Eles quedaran con todos os bens da familia e, eu libre, tería reclamacións que facerlles. Escribinlles ás miñas irmás. Supliqueilles que non presentasen ningunha oposición á miña saída. Apelaba á súa conciencia sobre a pouca liberdade dos meus votos. Ofrecinlles unha acta de renuncia de todas as miñas pretensións á sucesión do meu pai e da miña nai. Non obviei nada para persuadilas de que non era unha xestión nin de interese nin de paixón. Non me enganaba sobre os seus sentimentos: aquel documento que eu lles propoñía, feito mentres estaba aínda ligada á relixión, volveríase nulo e para elas non era seguro que eu o ratificase cando fose libre. E ademais, ¿convíñalles aceptar as miñas proposicións?, ¿ían deixar unha irmá sen asilo e fortuna?, ¿ían gozar dos seus bens?, ¿que diría a xente?... Se vén pedirnos pan, ¿rexeitarémosllo?, se se lle mete na cabeza casar, ¿quen sabe o tipo de home co que casará?,, ¿e se ten fillos?... É preciso que nos opoñamos con toda a nosa forza a esa perigosa tentativa. Velaí o que dixeron e o que fixeron.

Tan pronto a superiora recibiu a demanda xudicial da miña petición, acudiu á miña cela.

—¿Como é, irmá Sainte-Suzanne –dime ela–, que nos queredes deixar?

—Si, señora.

—¿Queredes retractarvos dos vosos votos?

—Si, señora.

—¿Non os fixestes libremente?

—Non, señora.

—¿E quen vos obrigou?

—Todo.

—¿O señor voso pai?

—O meu pai.

—¿A señora vosa nai?

—Ela mesma.

—¿E por que non protestastes cando estabades ao pé dos altares?

—Estaba tan inconsciente que non recordo nin sequera ter asistido.

—¿Como podedes falar así?

—Digo a verdade.

—¿Como?, non oístes o sacerdote preguntarvos: Irmá Sainte-Suzanne Simonin, ¿prometédeslle a Deus obediencia, castidade e pobreza?

—Non me lembro.

—¿Non respondestes que si?

—Non me lembro.

—¿E imaxinades que a xente vos vai crer?

—Crerame ou non, pero o feito non será menos verdade.

—Querida filla, imaxinade que abusos se cometerían se tales pretextos fosen escoitados. Fixestes unha dilixencia desconsiderada. Deixástesvos levar por un sentimento de vinganza. Gardádesme rancor polos castigos que me obrigastes a inflixirvos. Crestes que serían suficientes para anular os vosos votos pero equivocástesvos. Non pode ser nin perante os homes nin perante Deus. Pensade que o perxurio é o máis grande de todos os crimes, que o comestes xa no voso corazón e que o ides consumar.

—Non serei perxura. Non xurei nada.

—Se se cometeron algunhas inxustizas con vós, ¿xa non foron reparadas?

—Non son esas inxustizas as que me determinaron.

—¿Que foi, entón?

—A falta de vocación, a falta de liberdade nos meus votos.

—Se non vos sentiades chamada, se fostes obrigada, ¿por que non o dixestes a tempo?

—¿E de que me serviría?

—¿Por que non amosastes a mesma firmeza cando estabades en Sainte-Marie?

—¿Acaso a firmeza depende de nós? Amoseime firme a primeira vez. A segunda, estaba atordada.

—¿Por que non chamastes un avogado? ¿Por que non protestastes? Tivestes as vinte e catro horas para constatar o voso desgusto.

—¿Sabía eu desas formalidades? Aínda que as coñecese,, ¿estaba en estado de usalas? Aínda que estivese en estado de usalas, ¿podería facelo? Señora, ¿non vos decatastes vós mesma da miña alienación? Se vos tomo por testemuña, ¿xurariades que estaba sa de xuízo?

—Xuraríao.

—Ben, señora, pois seriades vós, e non eu, a perxura.

—Miña filla, ides provocar un escándalo inútil. Volvede en vós. Rógovolo polo voso propio interese e polo do convento. Este tipo de casos sempre crean escandalosas discusións.

—Non será pola miña culpa.

—A xente do mundo é mala. Fará as suposicións máis desfavorables sobre o voso espírito, o voso corazón, os vosos costumes. Crerá...

—Todo o que queira.

—Pero faládeme de corazón; se tedes calquera anoxo secreto, sexa cal sexa, ten remedio.

—Estaba, estou e estarei toda a miña vida a desgusto co meu estado.

—¿O espírito seductor que sempre nos rodea e que intenta arruinarnos, aproveitaría a excesiva liberdade que se vos concedeu desde hai pouco, para inspirarvos unha inclinación funesta?

—Non, señora. Sabedes que non fago un xuramento facilmente; poño a Deus por testemuña que o meu corazón é inocente e que nunca tiven un sentimento vergonzoso.

—Non se entende.

—Non obstante, nada hai máis fácil de concibir. Cadaquén ten o seu carácter e eu o meu. Vós amades a vida monástica e eu ódioa. Vós recibistes de Deus a graza do voso estado e a min fáltame. Vós perderiádesvos no mundo e asegurades aquí a vosa salvación. Eu perderíame aquí e espero salvarme no mundo. Son e serei unha mala relixiosa.

—¿E por que? Ninguén cumpre mellor os seus deberes ca vós.

—Pero con pesar e de mala gana.

—Merecedes máis por iso.

—Ninguén pode saber mellor ca min o que merezo e síntome forzada a confesar que, aínda someténdome a todo, non merezo nada. Estou cansa de ser unha hipócrita; facendo o que salva aos demais detéstome e condénome. Nunha palabra, señora, non coñezo máis relixiosas verdadeiras ca aquelas que permanecen aquí polo seu gusto polo retiro e que quedarían aquí aínda que non tivesen reixas nin murallas que as retivesen. Estou ben lonxe de pertencer a ese grupo. O meu corpo está aquí pero o meu corazón non. Está fóra. E se tivese que optar entre a morte e a clausura perpetua, non vacilaría en morrer. Velaí os meus sentimentos.

—¿Como?, ides abandonar este veo sen remorsos, estes vestidos que vos consagraron a Xesús Cristo.

—Si, señora, pois tomeinos sen reflexión e sen liberdade...

Respondinlle con moita moderación, aínda que non era o que o meu corazón me suxería. Dicíame: ¡Oh! ¿Cando chegará o momento no que poderei esgazalos e tiralos lonxe de min?

A miña resposta aterrouna; palideceu; quería falar pero tremíanlle os beizos; non sabía moi ben o que me tiña que dicir. Eu daba grandes pasos pola miña cela; ela exclamaba:

—¡Meu Deus!, ¿que van dicir as nosas irmás? ¡Xesús, dirixídelle unha mirada de piedade! ¿Irmá Sainte-Suzanne?

—Señora.

—¿É, entón, unha decisión que tedes tomada? Queredes deshonrarnos, converternos e convertervos a vós mesma no obxecto de comentario de todos, arruinarvos.

—Quero saír de aquí.

—Pero se só é a casa o que non vos gusta...

—É a casa. É o meu estado. É a relixión. Non quero estar pechada nin aquí nin noutro sitio.

—Miña filla, estades posuída polo demo. É el quen vos axita, quen vos fai falar, quen vos alporiza. Nada máis certo. Vede en que estado vos encontrades.

En efecto, mireime e vin que tiña a roupa desordenada, que o meu escapulario estaba co de diante para atrás e que o veo me caía sobre os ombros. Estaba farta das palabras daquela mala superiora que só me falaba cun ton suave e falso. Díxenlle con despeito:

—Non, señora, non, xa non quero este vestido. Xa non o quero.

Aínda así, trataba de arranxar o veo. Tremíanme as mans; e canto máis me esforzaba en arranxalo, máis o descolocaba. Xa impaciente, agarreino con violencia, arrinqueino, tireino ao chan e quedei diante da superiora, coa fronte cinguida por un diadema e a cabeza despeiteada. Mentres, ela, sen saber se debía permanecer alí ou marchar, ía e viña dicindo:

—¡Xesús! Está posuída, ben seguro. Está posuída...

E a hipócrita persignábase coa cruz do seu rosario.

Non tardei en volver en min. Sentín a indecencia do meu estado e a imprudencia das miñas palabras. Arranxeime o mellor que puiden. Recollín o veo e volvino poñer. Despois, virando cara a ela, díxenlle:

—Señora, non estou louca nin posuída. Estou avergonzada da miña violencia e pídovos perdón; pero xulgade por ela o pouco que me convén a vida de clausura e o xusto que é que intente saír dela se podo.

Ela, sen escoitarme, repetía:

—¿Que vai dicir a xente? ¿Que van dicir as nosas irmás?

—Señora –díxenlle–, ¿queredes evitar un escándalo? Hai unha maneira de facelo. Non teño interese no dote. Só pido ser libre. Non vos digo que me abrades as portas; pero facede só que, hoxe, mañá ou pasadomañá, estean mal gardadas e advertide a miña evasión o máis tarde que poidades.

—¡Infeliz! ¿Que ousades proporme?

—Un consello que unha boa e sabia superiora debería seguir con todas aquelas para as que o convento é unha prisión; e o convento éo para min mil veces máis horrible ca aquelas que pechan os malfeitores. Teño que saír ou morrer nel. Señora –díxenlle, tomando un ton grave e unha mirada segura–, escoitádeme: se as leis ás que me dirixín burlasen a miña esperanza, impulsada por movementos dunha desesperación que coñezo ben..., tedes pozos..., hai ventás no convento..., por todas partes hai muros diante..., hai un vestido que se pode romper en anacos..., mans que se poden usar...

—¡Parade, desgraciada! Facedes que me estremeza. ¿Como poderiades...?

—Podería, en defecto de todo o que acaba bruscamente cos males da vida, rexeitar os alimentos... Un é dono de beber e de comer ou de non facer nada... Se sucedese, despois do que vos acabo de dicir, que tivese coraxe, e sabedes que non carezo dela e que algunhas veces hai que ter máis para vivir que para morrer, poñédevos no lugar de Deus e dicídeme cal lle parecería máis culpable, a superiora ou a relixiosa... Señora, non lle pido nin lle pedirei nada ao convento. Aforrádeme un crime; aforrádevos longos remorsos. Acordemos xuntas...

—¿Pensades niso, irmá Sainte-Suzanne? ¡Que falte ao primeiro dos meus deberes; que lle dea a man ao crime; que comparta un sacrilexio!

—O verdadeiro sacrilexio, señora, son eu quen o comete cada día profanando, polo desprezo, os hábitos consagrados que levo. Quitádemos. Son indigna deles. Mandade buscar na vila os farrapos da campesiña máis pobre e que a clausura me sexa aberta.

—¿E a onde iredes para estar mellor?

—Non sei a onde irei, pero só se está mal onde Deus non nos quere e Deus non me quere aquí.

—Non tedes nada.

—É certo; pero a indixencia non é o que máis temo.

—Temede as desordes ás que arrastra.

—O pasado respóndeme polo futuro. Se quixese escoitar o crime, estaría libre. Pero se é que se me concede saír deste convento será co voso consentimento ou pola autoridade das leis. Podedes escoller.

Esta conversa fora longa. Recordándoa, póñome rubia polas cousas indiscretas e ridículas que fixera e dixera; pero era demasiado tarde. A superiora seguía coas exclamacións «¿que vai dicir a xente?, ¿que van dicir as nosas irmás?» cando a campá, que nos chamaba para o oficio, nos separou. Díxome cando marchaba:

—Irmá Sainte-Suzanne, ide á igrexa. Pregádelle a Deus que vos inspire e que vos devolva o espírito do voso estado. Interrogade a vosa conciencia e crede o que vos diga. É imposible que non vos faga reproches. Dispénsovos do canto.

Baixamos case xuntas. O oficio acabou. Á fin do oficio, cando todas as irmás estaban a punto de se separar, golpeou o seu breviario e detívoas.

—Miñas irmás –díxolles–, invítovos a botarvos ao pé dos altares e implorar a misericordia de Deus para unha relixiosa que foi abandonada por El, que perdeu o gusto e o espírito relixiosos e que está a piques de entregarse a unha acción sacrílega aos ollos de Deus e vergoñosa aos ollos dos homes.

Non podería describirvos a sorpresa xeral; nun abrir e pechar de ollos cada unha, sen se mover, percorreu a face das súas compañeiras, intentando distinguir a culpable pola súa incomodidade. Todas se axeonllaron e rogaron en silencio. Ao cabo dun espazo de tempo bastante considerable, a priora entoou en voz baixa o Veni Creator e todas continuaron en voz baixa. Despois, tras un segundo silencio, a priora golpeou o seu atril e saímos.

Deixo que pensedes no murmurio que se levantou na comunidade: «¿Quen será? ¿Quen non será? ¿Que fixo? ¿Que quere facer?» Esas sospeitas non duraron moito tempo. A miña petición comezou a saberse fóra. Recibía innumerables visitas. Uns facíanme reproches, outros dábanme consellos. Era apoiada por uns, era reprobada por outros. Só tiña un medio de xustificarme ante os ollos de todos, era o de ensinarlles a conduta dos meus pais e xa imaxinades que coidado tiña que gardar sobre ese asunto. Só algunhas persoas quedaron sinceramente unidas a min, entre elas, o señor Manouri que se encargara do meu proceso e a quen me puiden abrir completamente. Cando estaba asustada polos tormentos cos que fora ameazada, aquel cárcere a onde fora arrastrada unha vez representábase na miña imaxinación con todo o seu horror. Coñecía o furor das relixiosas. Comuniqueille os meus temores ao señor Manouri; díxome:

—É imposible evitarvos todo tipo de penas. Ides sufrir; tedes que contar con iso. É preciso que vos armedes de paciencia e que vos sosteñades coa esperanza de que acabarán. En canto a ese cárcere, prométovos que non volveredes entrar nel. Diso encárgome eu.

En efecto, algúns días despois tróuxolle unha orde á superiora de me presentar todas e cantas veces llo requirisen.

Ao día seguinte, logo do oficio, fun outra vez encomendada nas oracións públicas da comunidade; rogouse en silencio e repetiuse en voz baixa o mesmo himno que a véspera. Fíxose a mesma cerimonia o terceiro día, coa diferenza de que se me ordenou colocarme de pé no medio do coro e se me recitaron as pregarias para os agonizantes, as ladaíñas dos santos co refrán ora pro ea. Ao cuarto día, representouse unha comedia que demostraba claramente a extravagancia do carácter da superiora. Ao final do oficio fixéronme deitar nun ataúde no centro do coro. Colocaron candelabros aos lados cunha pía de auga bendita, cubríronme cun sudario e recitáronme o oficio para os mortos, tras o cal, cada relixiosa, a medida que ía saíndo, botábame auga bendita, dicindo: Requiescat in pace. Hai que coñecer a lingua dos conventos para entender a especie de ameaza contida nesas últimas palabras. Dúas relixiosas levantaron o sudario, apagaron os cirios e deixáronme alí, empapada ata a medula da auga coa que maliciosamente me regaron. Os hábitos secáronse enriba miña. Non tiña outros para cambiarme.

A esta mortificación seguiulle outra. Xuntouse a comunidade xuntouse e miroume como a unha réproba. A miña xestión foi tratada de apostasía; e prohibíronlles, baixo pena de desobediencia, a todas as relixiosas que me falasen, que me socorresen, que se me achegasen e que lle tocasen mesmo ás cousas que eu usara. Esas ordes foron executadas con rigor. Os nosos corredores son estreitos de xeito que dúas persoas teñen dificultades para pasar de fronte nalgúns sitios. Se eu ía e unha relixiosa viña cara a min, ou daba a volta ou se pegaba contra a parede, agarrando o veo e a roupa, por medo de que rozase coa miña. Se tiñan que recibir calquera cousa de min, poñíaa no chan e collíana cun trapo. Se tiñan que darme algo, tirábanmo. Se tiñan a mala sorte de tocarme, críanse manchadas e ían confesar e pedir a absolución xunto á superiora. Díxose que a adulación é vil e baixa. É ademais cruel e ben enxeñosa, cando se propón agradar coas mortificacións que inventa. Cantas veces me acordei do que dixo a miña celeste superiora de Moni: «Entre todas as criaturas que vedes ao meu redor, tan dóciles, tan inocentes, tan doces, miña filla, non hai case ningunha, non, case ningunha, da que non poida facer unha besta feroz; estraña metamorfose para a que a disposición é tanto maior canto máis nova se entrou nunha cela e menos se coñece a vida social. Estas palabras resúltanvos estrañas; que vos preserve Deus de probar a verdade delas. Irmá Suzanne, a boa relixiosa é aquela que leva á cela algunha grave falta que expiar.»

Priváronme de todas as funcións. No coro, deixaban un asento baleiro a cada lado do que eu ocupaba. Comía soa nunha mesa no refectorio. Non me servían. Víame obrigada a ir á cociña pedir a miña ración. A primeira vez, a irmá cociñeira berroume:

—Non entredes aquí, afastádevos...

Obedecina.

—¿Que queredes?

—Comer.

—¡Comer!, non sodes digna de vivir...

Algunhas veces, daba a volta e pasaba todo o día sen tomar nada. Outras veces, insistía e poñíanme no limiar alimentos que se avergonzarían de ofrecerlles aos animais. Recollíaos chorando e marchaba. ¿Chegaba algunha vez de última á porta do coro? Encontrábao pechado. Poñíame alí de xeonllos e esperaba a fin do oficio. Se era no xardín, volvía para a miña cela. Mentres, as miñas forzas debilitábanse polo pouco alimento, a mala calidade do que tomaba e, sobre todo, pola dificultade que tiña para soportar tantas demostracións reiteradas de inhumanidade. Presentín que, se continuaba a sufrir sen me queixar, nunca vería o final do meu proceso. Decidín entón falar coa superiora. Estaba medio morta de pavor. Aínda así, fun petar suavemente na súa porta. Abriu. Ao verme, retrocedeu varios pasos, berrándome:

—¡Apóstata, afastádevos!

Afasteime.

—Máis.

Afasteime máis.

—¿Que queredes?

—Posto que nin Deus nin os homes me condenaron a morrer, quero, señora, que ordenedes que me fagan vivir.

—¡Vivir! –díxome repetíndome o dito pola cociñeira–. ¿Sodes digna diso?

—Só Deus o sabe; pero avísovos de que se é que se me nega o alimento, vereime forzada a levar as miñas queixas aos que me aceptaron baixo a súa protección. Só estou aquí preventivamente, ata que a miña sorte e o meu estado sexan decididos.

—Ídevos –díxome–, non me manchedes coa vosa mirada. Ocupareime diso...

Marchei, e pechou a porta con forza. Aparentemente, deu as ordes pero apenas fun mellor tratada; consideraban que desobedecerlle era un mérito . Botábanme os alimentos máis bastos e aínda os estragaban con cinza e todo tipo de porcalladas.

Velaí a vida que soportei mentres durou o meu proceso. O locutorio non me foi prohibido de todo. Non me podían quitar a liberdade de falar cos xuíces nin co meu avogado. Aínda que este se viu obrigado a empregar varias veces a ameaza para conseguir verme. Daquela, acompañábame unha irmá. Queixábase se eu falaba baixo. Impacientábase se estaba demasiado tempo. Interrompíame, desmentíame, contradicíame, repetíalle á superiora as miñas palabras, alterábaas, envelenábaas, supoñíame incluso o que eu non dixera. ¡Que sei eu! Chegaron a roubarme, a despoxarme, a quitarme as cadeiras, as mantas, o colchón; non me daban roupa para a cama. Os meus vestidos rompían, e estaba case sen medias e sen zapatos. Tiña dificultades para conseguir auga. Máis dunha vez, tiven que ir eu mesma buscala ao pozo, a ese pozo do que vos falei. Rompéronme os recipientes. Entón, vinme obrigada a beber a auga que acababa de quitar sen poder levar outra. Se pasaba por debaixo das ventás, tiña que fuxir ou expoñerme a recibir as inmundicias das celas. Algunhas irmás cuspíronme na cara. Chegara a unha sucidade odiosa. Como tiñan medo das queixas que podía darlle aos nosos directores espirituais, prohibíronme a confesión. Un día de festa, creo que era o día da Ascensión, atrancáronme a pechadura; non puiden ir á misa e quizais faltaría aos demais oficios, se non fose pola visita do señor Manouri a quen, nun principio, lle dixeron que non sabían que fora de min, que xa non me vían e que non asistía a ningunha acción de cristianismo. Non obstante, a forza de me atormentar, forcei a pechadura e dirixinme á porta do coro que encontrei pechada, como sucedía cando non chegaba das primeiras. Deiteime no chan, coa cabeza e as costas contra a parede, os brazos cruzados sobre o peito e o resto do corpo estendido pechando o paso cando o oficio acabou e as relixiosas apareceron para saír. A primeira parou preto de min. As outras chegaron a continuación. A superiora dubidou de que se trataba e dixo:

—Pasade por riba dela, non é máis ca un cadáver.

Algunhas obedeceron e pisáronme. Outras foron menos inhumanas pero ningunha ousou tender a man para erguerme. Mentres estaba ausente, colleron da miña cela o reclinatorio, o retrato da nosa fundadora, as outras imaxes piadosas, o crucifixo, e só me quedou o que levaba no meu rosario e que non conservei durante moito tempo.Vivía entón entre catro paredes núas, nunha estancia sen porta, sen cadeira, de pé ou sobre un xergón; sen ningún dos recipientes necesarios, forzada a saír pola noite para satisfacer as necesidades da natureza e acusada pola mañá de perturbar o repouso da casa, de deambular e de volverme tola. Como a miña cela xa non pechaba, entraban pola noite en tumulto, gritaban, tiraban da miña cama, rompían as ventás e facíanme toda sorte de terrores. O ruído subía ao piso de arriba, baixaba ao de abaixo e as que non pertencían ao complot dicían que pasaban cousas estrañas no meu cuarto, que escoitaban voces lúgubres, gritos, choques de cadeas e que eu falaba cos espectros e cos malos espíritos, que, con seguridade, fixera un pauto e que había que abandonar o meu corredor inmediatamente.

Hai cabezas débiles nas comunidades, incluso a maioría o son. Estas crían o que lles dicían e non se atrevían a pasar por diante da miña porta; víanme na súa imaxinación turbada cunha figura odiosa, facían o sinal da cruz cando me encontraban e fuxían berrando: «¡Satán, apartádevos de min! ¡Meu Deus, socorrédeme!» Unha vez, unha das máis novas estaba no fondo do corredor. Eu ía cara a ela e non tiña modo de evitarme. Domeouna un terrible temor . Nun primeiro momento xirou o rostro cara á parede, falando entre dentes cunha voz tremente: «¡Meu Deus! ¡Meu Deus! ¡Xesús! ¡María! ¡Xesús! ¡María!», mentres, eu avanzaba. Cando me sentiu preto dela, tapou a cara coas dúas mans polo medo de me ver, abalanzouse con violencia aos meus brazos e exclamou: «¡A min!, ¡a min!, ¡misericordia!, ¡estou perdida! Sor Sainte-Suzanne, non me fagades mal. Sor Sainte-Suzanne, tede piedade de min...» E dicindo estas palabras caeu cara atrás medio morta no chan. Acudiron aos seus berros. Levárona de alí e non podería dicirvos como se alteraron esta aventura. Convertérona na historia máis criminal. Dixeron que o demo da impureza se apoderara de min; supuxéronme intencións e accións que non ouso nomear e raros desexos aos que atribúen a evidente desorde na que a nova relixiosa fora encontrada. De verdade, non son un home e non sei que se pode imaxinar dunha muller con outra muller, e aínda menos dunha muller soa; non obstante, como a miña cama estaba sen cortinas e entraban na miña estancia a todas horas, ¿que vos direi, señor? A pesar de toda a súa moderación exterior, da modestia das súas miradas, da castidade das súas expresións, esas mulleres teñen que ter o corazón moi corrompido; elas saben, polo menos, que se cometen a soas accións deshonestas e eu non o sei. Tampouco comprendín ben nunca de que me acusaban e expresábanse en termos tan escuros que nunca souben o que lles tiña que responder.

Non acabaría se quixese seguir co detalle de persecucións. ¡Ah!, señor, se tedes fillos, aprendede pola miña sorte o que lles preparades se consentides que se fagan relixiosos sen os signos da vocación máis forte e máis decidida. ¡Que inxusto é o mundo! Permítenlle a un neno dispor da súa liberdade a unha idade na que non se lle permite dispor dunha chica. Matade a vosa filla antes ca pechala nunha clausura a contragusto. Si, matádea. ¡Cantas veces desexei que a miña nai me tivese afogado cando nacín! Sería menos cruel. ¡Poderedes crer que me quitaron o breviario e que me prohibiron rezarlle a Deus? Xa imaxinades que non obedecín. ¡Ai!, era o meu único consolo. Erguía as miñas mans ao ceo, gritaba e ousaba esperar ser escoitada polo único ser que vía toda a miña miseria. Escoitaban tras da miña porta, e un día que eu me dirixía a El co corazón abatido e que o chamaba na miña axuda, dixéronme:

—Chamades a Deus en van. Xa non hai Deus para vós. Morrede desesperada e condenádevos...

Outras engadiron:

—¡Amén pola apóstata! ¡Amén por ela!

Pero velaquí un feito que vos parecerá ben máis estraño ca calquera outro. Non sei se é maldade ou ilusión. Aínda que eu non fixese nada que denotase que tivese o sentido perturbado nin moito menos que estivese posuída polo espírito infernal, deliberaron entre elas se non sería preciso exorcizarme, e chegaron á conclusión, por maioría, de que eu renunciara ao crisma e ao bautismo, que o demo residía en min e que me apartaba dos oficios divinos. Outra engadiu que, en certas oracións, rinchaba os dentes e que tremía na igrexa; que na elevación do Santo Sacramento retorcía os brazos; outra, que pisaba o crucifixo e que xa non levaba o rosario (que me roubaran); que profería blasfemias que non me atrevo a repetirvos. Todas, que había algo en min que non era natural e que había que avisar ao gran vicario, o que fixeron.

Ese gran vicario era un tal señor Hébert, home de idade e experiencia, de carácter brusco pero xusto e culto. Detalláronlle a desorde do convento, e estaba seguro de que debía ser grande e que se era eu a causa era unha causa ben inocente. Imaxinádesvos, sen dúbida, que non omitiron, na memoria que lle enviaron, os meus paseos nocturnos, as miñas ausencias do coro, o tumulto que había na miña cela, o que unha vira, o que outra escoitara, a miña aversión polas cousas santas, as miñas blasfemias, as accións obscenas que me imputaban, o incidente da moza relixiosa co que fixeron o que quixeron. As acusacións eran tan fortes e tan multiplicadas que, con todo o seu bo sentido, o señor Hébert non puido absterse de ceder e crer que había moito de certo. A cousa pareceulle bastante importante como para informarse por si mesmo. Anunciou a súa visita e veu, en efecto, acompañado por dous mozos eclesiásticos que lle adscribiran e que o aliviaban nas súas pesadas funcións.

Algúns días antes, pola noite, escoitei que entraba alguén a modiño na miña estancia. Non dixen nada, esperei a que me falasen e chamáronme cunha voz baixa e tremente:

—Irmá Sainte-Suzanne, ¿durmides?

—Non, non durmo. ¿Quen é?

—Son eu.

—¿Vós quen?

—A vosa amiga que está morrendo de medo e que se expón a arruinarse por darvos un consello quizais inútil. Escoitade. Mañá ou pasadomañá temos visita do gran vicario. Ides ser acusada. Preparádevos para defendervos. Adeus, tede coraxe e que o Señor sexa con vós...

Dito isto, afastouse coa levidade dunha sombra. Xa vedes, hai en todas os sitios, mesmo nos conventos, algunhas almas compasivas que nada as volve insensibles.

Mentres, o meu proceso era seguido con efusión. Unha multitude de persoas de todo estado, de todo sexo e de toda condición, que eu non coñecía, interesáronse pola miña sorte e pediron por min. Vós fostes unha delas, e quizais a historia do meu proceso vos sexa mellor coñecida ca a min pois, á fin, xa non podía verme co señor Manouri. Dixéronlle que estaba enferma. Sospeitou que o estaban enganando. Temía que me metesen no cárcere. Dirixiuse ao arcebispo quen non accedeu a escoitalo. Estaban informados de que eu estaba tola ou talvez algunha cousa peor. Acudiu, entón, perante os xuíces. Insistiu na execución da orde dada á superiora de me amosar morta ou viva cando se lle mandase. Os xuíces seculares emprendérona cos xuíces eclesiásticos. Estes déronse conta das consecuencias que este incidente podía traer de seguía adiante, e foi iso o que acelerou, polo que parece, a visita do gran vicario, pois estes señores, cansos das eternas molestias do convento, non se apuran habitualmente en mesturarse nos seus asuntos. Saben, por experiencia, que a súa autoridade é sempre eludida e comprometida.

Eu aproveitei o aviso da miña amiga para invocar a axuda de Deus, tranquilizar a miña alma e preparar a miña defensa. Non lle pedía ao ceo outra cousa cá fortuna de ser interrogada e escoitada sen parcialidade. Obtívena, pero ides saber a que prezo. Se a min me interesaba aparecer perante o meu xuíz como inocente e sabia, non lle interesaba menos á miña superiora que se me vise como mala, posuída polo demo, culpable e louca. Así, mentres eu redobraba o fervor e as oracións, redobraron elas as maldades. Só me daban os alimentos necesarios para que non morrese de fame. Cargáronme de mortificacións. Multiplicaron ao meu redor os espantos. Priváronme por completo do repouso nocturno. Puxeron en práctica todo o que pode abater a saúde e turbar o espírito. Levaron a cabo un refinamento de crueldade do que non tedes idea. Xulgade o resto por este trazo.

Un día que eu saía da miña cela para ir á igrexa ou a outra parte, vin unhas tenaces para o lume no chan do corredor. Agacheime para collelas e colocalas de xeito que aquela que as extraviara as encontrase facilmente. A luz impediume ver que estaban case roxas. Collinas pero, deixándoas caer outra vez, leváronme toda a pel da palma da man. Pola noite poñían, nos lugares polos que eu tiña que pasar, obstáculos para os meus pés ou á altura da miña cabeza. Ferinme cen veces, non sei como non me matei. Non tiña con que alumearme e víame forzada a camiñar ás apalpadelas. Sementaban cristais rotos baixo os meus pés. Estaba resolta a dicir todo isto e cumprín a miña palabra pouco despois. Encontraba a porta dos servizos pechada e víame obrigada a baixar varios pisos e a correr ata o fondo do xardín cando estaba a porta aberta e cando non o estaba.... ¡Ai! señor, que perigosas criaturas son as mulleres recluídas que están ben seguras de secundar o odio da súa superiora e que cren servir a Deus exasperándovos. Era hora de que o arcediago chegase. Era hora de que o meu proceso acabase.

Este foi o momento máis terrible da miña vida; pois pensade, señor, que ignoraba absolutamente baixo que cores me describiran aos ollos daquel eclesiástico e que el viña coa curiosidade de ver unha moza posuída ou que o parecía. Creron que só un forte susto me podería amosar nese estado e velaquí como fixeron para darmo.

O día da súa visita, á mañá cedo, a superiora entrou na miña cela. Viña acompañada por tres irmás, unha levaba unha pía de auga bendita, outra un crucifixo e a terceira unhas cordas. A superiora díxome cunha voz forte e ameazante:

—Erguédevos. Poñédevos de xeonllos e encomendádelle a vosa alma a Deus.

—Señora –díxenlle–, antes de obedecervos, ¿podería preguntar qué me vai pasar, qué decidistes facer comigo e qué teño que pedirlle a Deus?

Unha suor fría estendeuse por todo o meu corpo; tremía; notaba que as miñas pernas se dobraban. Miraba con pavor as tres fatais compañeiras. Estaban de pé en liña, co aspecto sombrío, os beizos apertados e os ollos pechados. O terror separara cada palabra da pregunta que fixera. Crin, polo silencio que gardaban, que non me escoitaran. Volvín repetir as últimas palabras da pregunta, pois non tiven forza para repetila toda enteira. Dixen entón cunha voz feble e que se extinguía:

—¿Que gracia lle teño que pedir a Deus?

Respondéronme:

—Pedídelle perdón polos pecados de toda a vosa vida; faládelle coma se estivesedes no momento de comparecer ante El.

Ante estas palabras, crin que se reuniran e que resolveran desfacerse de min. Oíra dicir que iso se practicaba algunhas veces nos conventos de certos relixiosos, que xulgaban, condenaban a morte e executaban. Non cría que xamais se tivese exercido esta inhumana xurisdición en ningún convento de mulleres. ¡Pero había tantas outras cousas que eu non adiviñara e que, en cambio, sucedían! Ante esta idea da morte próxima quixen gritar, pero a miña boca estaba aberta e non emitía ningún son; avancei cara á superiora cos brazos suplicantes e o meu corpo desfalecente envorcou cara atrás. Caín, pero a caída non foi grave. Neses momentos de transo, onde a forza nos abandona insensiblemente, os membros fraquean, axítanse, por así dicir, uns sobre os outros e a natureza, non podendo sosterse, parece que intenta desfalecer molmente. Perdín o coñecemento e o sentido. Só oín murmurar ao redor de min voces confusas e distantes. Sexa que falasen, sexa que os oídos me zoasen, non distinguía nada daquel zunido que non cesaba. Non sei canto tempo permanecín nese estado, pero saín del por un súbito frescor que me causou unha convulsión lixeira e que me arrincou un profundo suspiro. Estaba empapada de auga que caía da miña roupa ao chan. Botáranme unha pía de auga por riba. Estaba deitada de lado, estendida nesa auga, coa cabeza apoiada contra a parede, a boca entreaberta e os ollos medio mortos e pechados. Intentaba abrilos e mirar, pero pareceume que estaba envolveita nun aire mesto, a través do cal só entrevía roupa flotante á que me intentaba agarrar sen conseguilo. Eu facía forza no brazo sobre o que estaba apoiada; quería erguelo, pero encontrábao demasiado pesado. A miña extrema debilidade diminuíu pouco a pouco. Levanteime. Apoiei as costas contra a parede; tiña as mans na auga, a cabeza dobrada sobre o peito e choraba cun pranto inarticulado, entrecortado e penoso. Aquelas mulleres mirábanme cun aspecto que facía notar a necesidade e a inflexibilidade e que me quitaba a coraxe de implorarlles. A superiora dixo:

—Poñédea de pé.

Colléronme polos brazos e erguéronme. Engadiu:

—Posto que non quere encomendarse a Deus, peor para ela. Xa sabedes o que tedes que facer, acabade.

Pensei que as cordas que trouxeran estaban destinadas a estrangularme. Mireinas. Os meus ollos enchéronse de bágoas. Pedín o crucifixo para bicar, pero negáronmo. Pedín as cordas para bicalas e déronmas. Dobreime, collín o escapulario da superiora e biqueino. Dixen:

—¡Meu Deus, tede piedade de min! Meu Deus, tede piedade de min! Queridas irmás, tratade de non facerme sufrir.

E ofrecinlles o meu colo.

Non podo dicirvos qué me pasou nin qué me fixeron. É ben seguro que os que son conducidos ao suplicio, e eu críame un deles, morren antes de ser executados. Espertei sobre o xergón que me servía de cama, cos brazos atados detrás das costas, sentada e cun gran crucifixo de ferro enriba dos xeonllos.

Señor marqués, vexo desde aquí toda a dor que vos causo pero quixestes saber se merecía a compaixón que espero de vós.

Foi entón cando me decatei da prioridade da relixión cristiá sobre todas as relixións do mundo e da profunda sabedoría que había no que a cega filosofía chama a loucura da cruz. No estado no que eu estaba, ¿de que me serviría a imaxe dun lexislador feliz e colmado de gloria? Eu vía o inocente, co costado atravesado, a fronte coroada de espiñas, as mans e os pés perforados por cravos, e expirando nos padecementos e dicía para min: «¡Velaí o meu Deus, e eu ouso queixarme!» Aferreime a esta idea e sentín renacer o consolo no meu corazón. Coñecín a vaidade da vida e sentinme moi feliz de perdela, antes de ter tempo de multiplicar as miñas faltas. Non obstante, contaba os meus anos, apenas tiña vinte, e suspiraba. Estaba demasiado debilitada, demasiado abatida para que o meu espírito se puidese elevar por riba dos terrores da morte. En plena saúde, creo que podería comportarme con máis valor.

Daquela, a superiora e as súas compañeiras volveron vir. Encontráronme con máis presenza de espírito da que esperaban e da que querían. Puxéronme de pé. Colocáronme o veo sobre o rostro. Dúas colléronme por debaixo dos brazos; unha terceira empuxoume por detrás e a superiora ordenoume que camiñase. Camiñaba sen saber a onde ía pero, crendo que ía ao suplicio, dicía: «¡Meu Deus, tede piedade de min! ¡Meu Deus, sostédeme! ¡Meu Deus, non me abandonedes! ¡Meu Deus, perdoádeme se vos ofendín.»

Cheguei á igrexa. O gran vicario celebrara a misa. A comunidade xuntárase. Esquecíame dicirvos que, cando cheguei á porta, aquelas tres relixiosas que me conducían apertábanme, empuxábanme con violencia, parecían atormentarse arredor miña e arrastrábanme, unhas por debaixo dos brazos, mentres outras me retiñan por detrás, coma se me resistise e me negase a entrar na igrexa. Non era así, non obstante. Conducíronme ata os chanzos do altar; tiña dificultade para sosterme de pé e puxéronme de xeonllos coma se me negase a facelo. Agarrábanme como se tivese a intención de fuxir. Cantaron o Veni Creator. Expuxeron o Santo Sacramento. Deron a bendición. No momento da bendición, cando un se inclina con veneración, as que me agarraran polos brazos, dobráronme á forza e as outras apoiaron as mans nos meus ombros. Dábame conta deses diferentes xestos pero érame imposible adiviñar o seu obxectivo. Ao cabo, todo se esclareceu.

Tras a bendición, o gran vicario despoxouse da súa casulla, volveuse vestir só coa alba e a estola e avanzou cara aos chanzos do altar onde eu me encontraba de xeonllos. El estaba entre os dous eclesiásticos, coas costas viradas ao altar sobre o cal estaba exposto o Santo Sacramento e co rostro para o meu lado. Achegouse a min e díxome:

—Sor Suzanne, erguédevos.

As irmás que me suxeitaban erguéronme bruscamente. Outras rodeáronme e sostivéronme agarrada pola cintura coma se tivesen medo de que escapase. El engadiu:

—Que a desaten.

Non lle obedeceron; finxiron ver o inconveniente ou mesmo o perigo de me deixar libre pero xa vos dixen que este home era brusco. Repetiu cunha voz firme e dura:

—Que a desaten.

Obedeceron.

Apenas tiven as mans libres, soltei un lamento doloroso e agudo que os fixo palidecer e as hipócritas relixiosas que estaban cerca apartáronse coma espantadas.

El recuperouse, as irmás volveron como tremendo, eu permanecín inmóbil e el díxome:

—¿Que tedes?

Non lle respondín nada, só lle amosei os dous brazos; a corda coa que mos agarrotaran metéraseme case por completo nas carnes e estaban violetas do sangue que xa non circulaba e que se extravasara. Entendeu que a miña queixa procedía da dor súbita do sangue que retomaba o seu curso. Dixo:

—Que lle ergan o veo.

Cosérano en diferentes lugares sen que eu me dese conta, e achegáronlle moita dificultade e violencia a unha cousa que só a esixía porque a prepararan; querían que aquel cura me vise obsesionada, posuída ou tola; a pesar disto, a forza de puxar, o fío fallou nalgúns sitios, o veo ou os meus hábitos romperon noutros e puido verme.

O meu aspecto é interesante; a profunda dor alterárao pero non lle borrara ningún dos seus trazos. Teño un ton de voz que emociona e déronse conta pola miña expresión de que dicía a verdade. Estas calidades reunidas causaron unha forte impresión de compaixón sobre os mozos acólitos do arcediago; en canto a el, ignoraba estes sentimentos; era xusto pero pouco sensible, era dese tipo de persoa que naceu, desgraciadamente, para practicar a virtude sen experimentar a súa dozura. Fan o ben polo sentimento de orde, como din. Colleu o extremo da súa estola e, poñéndoma sobre a cabeza, díxome:

—¿Irmá Suzanne, credes en Deus Pai, Fillo e Espírito Santo?

Respondín:

—Creo.

—¿Credes na nosa nai a santa Igrexa?

—Creo.

—¿Renunciades a Satán e ás súas obras?

En lugar de responder, movinme de súpeto cara a adiante, dei un grito e o extremo da súa estola separouse da miña cabeza. Turbouse. Os seus compañeiros palideceron; as relixiosas, unhas fuxiron, outras, que estaban nas cadeiras do coro, deixáronas co maior tumulto. Fixo sinal de que se apazugasen. Mentres, el observábame. Esperaba calquera cousa extraordinaria. Calmeino dicíndolle:

—Señor, non pasa nada. Foi unha das relixiosas que me picou con forza con algunha cousa aguzada.

E erguendo os ollos e as mans cara ao ceo engadín chorando:

—É que me feriron no momento no que me preguntabades se renunciaba a Satán e ás súas pompas e ben vexo por qué.

Todas replicaron por medio da superiora que non me tocaran. O arcediago colocoume o extremo da súa estola sobre a cabeza; as relixiosas ían volver achegarse, pero el fíxolles sinal de que se afastasen e volveume preguntar se renunciaba a Satán e ás súas obras; e respondinlle firmemente:

—Renuncio, renuncio.

Fixo que lle trouxesen un crucifixo e deumo para bicar. Biqueino nos pés, nas mans e na chaga do costado. Ordenoume que o adorase en voz alta; púxeno no chan e díxenlle de xeonllos:

—Meu Deus, meu salvador, a vós que morrestes na cruz polos meus pecados e por todos os do xénero humano, adórovos; aplicádeme o mérito dos tormentos que sufristes; facede verter sobre min unha gota do sangue que vós derramastes e que sexa purificada. Perdoádeme, meu Deus, como eu perdoo a todos os meus inimigos.

A continuación, díxome:

—Facede un acto de fe...

E fíxeno.

—Facede un acto de amor...

E fíxeno.

—Facede un acto de esperanza...

E fíxeno.

—Facede un acto de caridade...

E fíxeno.

Non me acordo en que termos estaban concibidos pero penso que eran patéticos, pois arrincaban os saloucos dalgunhas relixiosas, os dous eclesiásticos choraban e o arcediago, estrañado, preguntoume de onde tirara as oracións que acababa de recitar.

Díxenlle:

—Do fondo do meu corazón; son os meus pensamentos e os meus sentimentos. Poño a Deus, que nos escoita en todas partes e que está presente sobre este altar, por testemuña. Son cristiá e inocente. Se cometín algunhas faltas, só Deus as coñece, e ninguén, a non ser El, ten o dereito de me pedir contas e de castigarme.

Ante estas palabras, dirixiulle unha terrible mirada á superiora.

Acabou o resto daquela cerimonia onde a maxestade de Deus acababa de ser insultada, as cousas máis santas profanadas e o ministro da Igrexa escarnecido, e as relixiosas retiráronse, agás a superiora, eu e os mozos eclesiásticos. Sentou o arcediago e, tirando a memoria que lle presentaran contra min, leuna en voz alta e interrogoume sobre os artigos que contiña.

—¿Por que –díxome el– non confesades?

—Porque mo impiden.

—¿Por que non vos achegades aos sacramentos?

—Porque mo impiden

–¿Por que non asistides nin á misa nin aos oficios divinos?

—Porque mo impiden.

A superiora quixo tomar a palabra, pero el díxolle co seu ton:

—Señora, estade calada. ¿Por que saídes de noite da cela?

—Porque me privaron de auga, de xerra e de todos os recipientes necesarios para satisfacer as necesidades da natureza.

—¿Por que se oe ruído pola noite no voso dormitorio e na vosa cela?

—Porque se dedican a trastornarme o descanso.

A superiora quixo falar de novo, e el díxolle por segunda vez:

—Señora, xa vos dixen que estivésedes calada. Responderedes cando vos interrogue. ¿Que pasou cunha relixiosa que vos arrincaron das mans e que encontraron tirada no chan do corredor?

—É a consecuencia do horror que lle inspiraran por min.

—¿É amiga vosa?

—Non, señor.

—¿Nunca entrastes na súa cela?

—Nunca.

—¿Nunca lle fixestes nada indecente sexa a ela ou a outras?

—Nunca.

—¿Por que vos ataron?

—Ignóroo.

—¿Por que a vosa cela non pecha?

—Porque lle rompín a pechadura.

—¿Por que lla rompestes?

—Para abrir a porta e asistir ao oficio o día da Ascensión.

—¿Aparecestes na igrexa ese día entón?

—Si, señor...

A superiora dixo:

—Señor, iso non é certo. Toda a comunidade...

Interrompina.

—Asegurará que a porta do coro estaba pechada, que me encontraron prosternada á porta e que lles ordenastes que camiñasen por riba de min, o que algunhas fixeron, pero eu perdóolles e a vós, señora, ordenalo. Non vin para acusarvos, senón para defenderme.

—¿Por que non tedes nin rosario nin crucifixo?

—Porque mos quitaron.

—¿Onde está o voso breviario?

—Quitáronmo.

—¿Como rezades, entón?

—Fago as miñas oracións de memoria e co corazón, aínda que me prohibiron rezar.

—¿Quen volo prohibiu?

—A señora...

A superiora ía falar de novo.

—Señora –díxolle el–, ¿é verdadeiro ou falso que lle prohibistes rezar? Dicide si ou non.

—Eu cría, tiña razóns para crer...

—Non se trata diso. Prohibísteslle rezar, ¿si ou non?

—Prohibinllo, pero...

Ela ía continuar.

—Pero..., –repetiu o arcediago– pero... Irmá Suzanne, ¿por que andades descalza?

—Porque non me dan nin medias nin zapatos.

—¿Por que a vosa muda e a vosa roupa está en tal estado de vellez e de sucidade?

—Porque hai máis de tres meses que me negan unha muda e que me vexo forzada a durmir vestida.

—¿Por que durmides vestida?

—Porque non teño nin cortinas nin colchón nin mantas nin sabas nin camisón.

—¿Por que non os tedes?

—Porque mos quitaron.

—¿Danvos alimentos?

—Eu pídoos.

—¿Entón non volos dan?

Eu calei e el engadiu:

—É incrible que se portasen con vós con tanta severidade sen que cometésedes ningunha falta que o merecese.

—A miña falta é a de non sentirme atraída polo estado relixioso e a de retractarme duns votos que non fixen libremente.

—Son as leis as que teñen que decidir ese asunto e sexa o que sexa o que decidan, mentres esperades, tedes que cumprir cos deberes da vida relixiosa.

—Ninguén, señor, é máis exacto ca min niso.

—É necesario que gocedes da sorte de todas as vosas compañeiras.

—É todo o que pido.

—¿Non queredes dar queixas de ninguén?

—Non, señor; xa volo dixen. Non vin para acusar senón para defenderme.

—Ide.

—Señor, ¿a onde teño que ir?

—Á vosa cela.

Dei algúns pasos. Despois volvín atrás e prosterneime aos pés da superiora e do arcediago.

—Ben –díxome el–, ¿que pasa?

Amosándolle a miña cabeza ferida en varios sitios, os meus pés ensanguentados, as miñas mans lívidas e sen carne, a miña roupa sucia e rota, díxenlle:

—¿Vedes?

Enténdovos, a vós, señor marqués e á maior parte dos que lerán estas memorias: «Uns horrores tan multiplicados, tan variados, tan continuos, unha serie de atrocidades tan rebuscadas en almas relixiosas, non é verosímil», dirán eles, dicides vós. Estou de acordo, pero é certo. ¡E que o ceo, a quen poño por testemuña, me xulgue con todo o seu rigor e me condene ao lume eterno se permitín que a calumnia embazase unha das miñas liñas coa súa sombra máis lene! Aínda que sufrín durante moito tempo que violento aguillón é a aversión dunha superiora para a perversidade natural, sobre todo cando pode facerse dela un mérito, aplaudirse, vangloriarse dos seus horrores, o resentimento non me impedirá ser xusta. Canto máis reflexiono, máis me convenzo de que o que me pasa aínda non pasara e quizais non suceda nunca. Unha vez (e pídolle a Deus que fose a primeira e a última) próugolle á Providencia, os camiños da cal nos son descoñecidos, concentrar sobre unha soa infeliz toda a masa de crueldades repartida, nos seus impenetrables decretos, sobre a multitude infinita de desgraciadas que a precederan nunha clausura e que a debían suceder. Sufrín, sufrín moito, pero a sorte das miñas perseguidoras paréceme e pareceume sempre máis digna de mágoa cá miña. Preferiría, preferiría morrer a deixar o meu papel para tomar o delas. As miñas desgracias acabarán, así o espero da vosa bondade. A memoria, a vergonza e os remorsos do crime quedaranlles ata a última hora. Elas xa se acusan, non teñades dúbidas. Acusaranse toda a súa vida e o terror descenderá baixo a tumba con elas. Aínda así, señor marqués, a miña situación actual é deplorable. A vida resúltame gravosa. Son unha muller. Teño o espírito feble como as do meu sexo. Deus pode abandonarme. Non sinto nin a forza nin a coraxe para soportar moito tempo máis o que levo soportado. Señor marqués, temede que un fatal momento me sobreveña. Aínda que despois empreguedes os vosos ollos para chorar polo meu destino, aínda que vivades abafado polos remorsos, non sairei por iso do abismo no que terei caído. El pecharase para sempre sobre unha desesperada.

–Ide –díxome o arcediago.

Un dos eclesiásticos deume a man para que me erguese e o arcediago engadiu:

—Xa vos interroguei, vou interrogar a vosa superiora e non sairei de aquí ata que a orde quede restablecida.

Retireime. Encontrei o resto do convento alarmado. Todas as relixiosas estaban no limiar das súas celas; falaban desde un lado do corredor ao outro. Tan pronto como aparecín, retiráronse e produciuse un gran barullo de portas que se pechaban unhas tras as outras con forza. Entrei na cela. Púxenme de xeonllos contra a parede e pregueille a Deus que tomase en consideración a moderación coa que eu lle falara ao arcediago e que lle fixese coñecer a miña inocencia e a verdade.

Estaba rezando cando o arcediago, os seus dous compañeiros e a superiora apareceron na miña cela. Díxenvos que estaba sen tapicería, sen asento, sen breviario, sen cortinas, sen colchón, sen mantas, sen sabas, sen ningún recipiente, sen porta que pechase e case sen un cristal enteiro nas fiestras. Erguinme e o arcediago, parándose de súpeto e dirixindo unha mirada de indignación sobre a superiora, díxolle:

—¿Ben, señora?

Ela respondeu:

—Eu ignorábao.

—¿Ignorabádelo? ¡Mentides! ¿Pasastes un día sen entrar aquí?, ¿non viñades de aquí cando chegastes?... Sor Suzanne, falade, a señora, ¿non entrou aquí hoxe?

Non respondín nada. Non insistiu; pero os mozos eclesiásticos cos brazos caídos, a cabeza baixa e os ollos fixos no chan, deixaban ver a súa pena e a súa sorpresa. Saíron todos, e oín que o arcediago lle dicía á superiora no corredor:

—Sodes indigna das vosas funcións. Mereciades ser destituída. Levareille as miñas queixas a monseñor. Que toda esta desorde sexa reparada antes de que eu marche.

E continuando a camiñar e acenando coa cabeza, engadiu:

—¡É horrible! ¡Unhas cristiás! ¡Unhas relixiosas! ¡Criaturas inhumanas! ¡É horrible!

Desde ese momento xa non oín falar nada máis pero déronme roupa para a cama, outros vestidos, cortinas, sabas, mantas, recipientes, o meu breviario, os meus libros de piedade, o meu rosario, o meu crucifixo, vidros, nunha palabra, todo o necesario para restablecerme ao estado común das relixiosas. Devolvéronme a liberdade do locutorio pero só para o meu proceso.

Este ía mal. O señor Manouri publicou unha primeira memoria que causou pouca sensación. Tiña demasiado enxeño, pouco patetismo e case nada de razóns. Non podo responsabilizar disto a este hábil avogado. Eu non quería, en absoluto, que atacase a reputación dos meus pais nin o estado relixioso e, sobre todo, o convento no que estaba. Non quería que pintase con cores demasiado odiosas os meus cuñados e as miñas irmás. Non tiña ao meu favor outra cousa que unha primeira protesta, solemne a dicir verdade, pero feita noutro convento e non renovada despois. Cando se lle poñen límites tan estreitos a unha defensa e se enfronta con partes que non lles poñen ningún aos seus ataques, que pisan o xusto e o inxusto, que afirman e negan coa mesma imprudencia e que non arroxan nin polas imputacións nin polas sospeitas nin pola maledicencia nin pola calumnia, é difícil levala adiante, sobre todo ante os tribunais, onde o hábito e o aburrimento dos procesos apenas permiten que se examinen con certo escrúpulo os máis importantes e onde as contestacións da natureza da miña son sempre vistas cun ollo desfavorable polo home político, que teme que co éxito dunha relixiosa que se retracta dos seus votos se anime a unha infinidade delas a dar o mesmo paso. Séntese secretamente que, se se permitise que as portas destas prisións se abatesen en favor dunha infeliz, a multitude dirixiríase a elas e intentaría forzalas. Tratan de desanimarnos e facer que nos resignemos á nosa sorte pola falta de esperanza de cambiala.

«Paréceme, en cambio, que nun estado ben gobernado debería ser ao contrario: que fose difícil facerse relixioso e deixar de selo facilmente. E ¿por que non engadir este caso a tantos outros nos que o menor defecto de formalidades aniquilan un procedemento mesmo xusto polo demais? ¿Son esenciais os conventos para a constitución dun estado? ¿Instituíu Xesús as relixiosas e os relixiosos? ¿Non pode prescindir deles a Igrexa? ¿Que necesidade ten o esposo de tantas virxes tolas e a especie humana de tantas víctimas? ¿Nunca se sentirá a necesidade de estreitar a abertura destes precipicios a onde se van perder as razas futuras? Todas as oracións de rutina que se fan aí, ¿valen a esmola que a conmiseración lle dá ao pobre? Deus creou o home sociable, ¿aproba que se peche? Deus, que o fixo tan inconstante, tan fráxil, ¿pode autorizar a temeridade dos seus votos? Eses votos, que contrarían a tendencia xeral da natureza, ¿poden ser ben cumpridos máis que por algunhas criaturas mal feitas nas que o xerme das paixóns están debilitados e que se situarían, con razón, entre os monstros se as nosas luces nos permitisen coñecer tan facilmente e tan ben a estrutura interior do home coma a súa forma exterior? ¿Todas esas cerimonias lúgubres que se observan na toma de hábitos e na profesión cando se consagra un home ou unha muller á vida monástica e á desgraza, suspenden as funcións animais? Polo contrario, ¿non espertan no silencio, no constrinximento e na ociosidade cunha violencia descoñecida na xente do mundo que vive ocupada nunha multitude de distraccións? ¿Onde é que se ven cabezas obsesionadas por espectros impuros que as seguen e as axitan? ¿Onde se ve ese fastío profundo, esa palidez, esa delgadeza, todos os síntomas da natureza que languidece e se consome? ¿Onde as noites son turbadas polos xemidos, os días empapados de bágoas vertidas sen causa e precedidas dunha melancolía que non se sabe a que atribuír? ¿Onde é que a natureza, revolta por unha coacción para a cal non está feita, rompe os obstáculos que se lle impoñen, ponse furiosa, tira a economía animal a unha desorde que xa non encontra remedio? ¿En que lugar a pena e o mal humor anularon todas as calidades sociais? ¿Onde non hai pai nin nai nin irmán nin irmás nin parentes nin amigos? ¿Onde é que o home, considerándose só un ser dun instante que pasa, trata as unións máis doces deste mundo coma un viaxante os obxectos que encontra, sen cariño? ¿Onde está a morada do malestar, do fastío e da furia? ¿Onde está o lugar da servidume e do despotismo? ¿Onde os odios que non se extinguen? ¿Onde as paixóns alimentadas en silencio? ¿Onde a sede da crueldade e da curiosidade? Non se coñece a historia destes asilos, dicía a continuación o señor Manouri no seu alegado, non se coñece.» Noutro lugar, engadía: «Facer voto de pobreza é comprometerse, mediante xuramento, a ser preguiceiro e ladrón; facer voto de castidade é prometerlle a Deus a infracción inconstante da máis sabia e da máis importante das súas leis; facer voto de obediencia é renunciar á prerrogativa inalienable do home, a liberdade. Se se cumpren estes votos, ése un criminal; se non se cumpren ése un perxuro. A vida claustral é propia dun fanático ou dun hipócrita.»

Unha moza pediulles aos seus pais permiso para entrar nunha casa de relixiosas. O seu pai díxolle que llo consentía pero que lle dese tres anos para pensalo. Esta lei pareceulle dura á moza, chea de fervor; non obstante, tivo que someterse a ela. Ao non diminuír a súa vocación, volveu ante o seu pai e díxolle que os tres anos pasaran.

—Moi ben, miña filla –respondeulle el–, deivos tres anos para probarvos; espero que queirades concederme outros tantos para decidirme.

Isto pareceulle aínda moito máis duro. Chorou. Pero o pai era un home firme que resistiu. Ao cabo destes seis anos, a rapaza entrou no convento e profesou. Era unha boa relixiosa, sinxela, piadosa, exacta en todos os seus deberes. Pero sucedeu que os directores espirituais abusaron da súa franqueza para instruírse no confesionario do que pasaba no convento. As nosas superioras sospeitárono. Foi pechada, privada dos exercicios da relixión e virou tola; ¿que cabeza resistiría as persecucións de cincuenta persoas que se ocupaban, desde o comezo ata a fin do día, de atormentala? Antes, tendéranlle á súa nai unha trampa que amosa claramente a avaricia das clausuras. Inspiráronlle á nai desa reclusa o desexo de entrar no convento e de visitar a cela da súa filla. Ela dirixiuse aos grandes vicarios que lle concederon o permiso que solicitaba. Entrou. Correu á cela da súa filla pero, ¿cal foi a sorpresa de non ver máis cás catro paredes espidas? Leváranlle todo. Ben sabían que aquela tenra e sensible nai non deixaría a filla naquel estado. En efecto, volveu levarlle mobles, deulle outra vez roupa para ela e para a cama e deixoulles ben claro ás relixiosas que esta curiosidade lles custaría moi cara se sucedese unha segunda vez, e que tres ou catro visitas por ano coma aquela arruinarían os seus irmáns e irmás. Alí, a ambición e o luxo sacrifican unha parte da familia para darlle ao resto unha sorte máis vantaxosa. É a sentina á que se tira o peor da sociedade. ¡Cantas nais como a miña expían un crime secreto con outro!

O señor Manouri publicou unha segunda memoria que tivo un pouco máis de efecto; defendeuna con forza. Ofrecinlles de novo a miñas irmás deixarlles a posesión completa e tranquila da herdanza dos meus pais. Houbo un momento no que o meu proceso tomou o aspecto máis favorable e no que esperaba a liberdade. Só me sentín cruelmente frustrada. O meu proceso foi litigado na audiencia e perdido. Toda a comunidade o sabía, aínda que eu o ignoraba. Reinaba un movemento, un tumulto, unha alegría, había pequenas charlas secretas, idas e vidas xunto á superiora e as relixiosas unhas xunto ás outras. Eu tremía toda. Non podía nin permanecer na miña cela nin saír. Non tiña ningunha amiga nos brazos de quen me botar. ¡Que cruel mañá aquela do xuízo dun gran proceso! Quería rezar pero non podía. Poñíame de xeonllos. Concentrábame. Comezaba unha oración pero logo o meu pensamento era arrastrado aínda que non quixese ao medio dos xuíces. Víaos. Oía os avogados. Dirixíame a eles. Interrompía o meu. Encontraba a miña causa mal defendida. Non coñecía a ningún dos maxistrados, pero facía imaxes de todo tipo deles. Unhas favorables, outras sinistras e outras indiferentes. Estaba nunha axitación, nunha turbación de ideas que non se pode concibir. O ruído foi substituído por un profundo silencio. As relixiosas xa non falaban. Pareceume que tiñan no coro a voz máis brillante que de ordinario, polo menos as que cantaban. Ao saír do oficio, retiráronse en silencio. Persuadíanme de que a espera as inquietaba tanto coma a min. Pero pola tarde, o ruído e o movemento volveron aparecer subitamente en todas partes. Oín abrir as portas, pechalas, as relixiosas ir e vir e o murmurio das persoas que falaban baixo. Peguei a orella á pechadura pero pareceume que calaban cando pasaban e que camiñaban na punta dos pés. Presentín que perdera o meu proceso. Non o dubidei un instante. Púxenme a camiñar pola cela en silencio, afogaba; non podía queixarme. Cruzaba os brazos sobre a cabeza; apoiaba a fronte, ben contra unha parede ben contra outra. Quería repousar na cama pero impedíanmo os latexos do corazón. É certo que oía bater o meu corazón e que facía erguer a miña roupa. Así estaba cando me viñeron dicir que me querían ver. Baixei; non ousaba avanzar. A que me avisara estaba tan contenta que pensei que a nova que me traían tiña que ser moi triste. A pesar diso fun. Unha vez que cheguei á porta do locutorio, parei sen máis e tireime no recanto de dúas paredes; non me podía soster. Non obstante, entrei. Non había ninguén. Esperei. Impedíranlle a aquel que me fixera chamar que aparecese antes ca min. Sospeitaban que era un emisario do meu avogado. Querían saber qué pasaría entre nós. Reuníranse para escoitar. Cando apareceu, estaba sentada coa cabeza inclinada sobre o brazo e apoiada contra os barrotes da reixa.

—Veño de parte do señor Manouri –díxome.

—para dicirme que perdín o proceso.

—Señora, non sei, pero deume esta carta. Parecía aflixido cando ma encargou e vin a todo correr como el me indicou.

—Dádema.

Tendeume a carta e collina sen me mover e sen o mirar. Púxena sobre os xeonllos e permanecín como estaba. Entón, aquel home preguntoume:

—¿Non hai resposta?

—Non –díxenlle eu–. Ide.

El marchou e eu seguín no mesmo sitio sen poder moverme nin decidirme a saír.

No convento non está permitido escribir nin recibir cartas sen o permiso da superiora. Lévanselle a ela tanto as que se reciben como as que se escriben. Tiña polo tanto que ensinarlle a miña. Púxenme en camiño para iso. Crin que non chegaría nunca. Un condenado que sae do cárcere para ir escoitar a súa condena non camiñaría nin máis de vagar nin máis abatido. Por fin, cheguei á súa porta. As relixiosas examinábanme desde lonxe. Non querían perder nada do espectáculo da miña dor e da miña humillación. Petei e abriron. A superiora estaba con algunhas outras relixiosas. Deime conta pola parte baixa da súa roupa pois en ningún momento ousei erguer a mirada. Ofrecinlle a miña carta cunha man vacilante. Ela colleuna, leuna e devolveuma. Volvín á cela. Tireime por riba da cama coa carta ao meu carón e quedei así sen lela, sen me erguer para ir comer, sen moverse ata o oficio da tarde. Ás tres e media, a campá avisoume de que había que baixar. Xa chegaran algunhas relixiosas. A superiora estaba á entrada do coro. Paroume, ordenoume que me puxese de xeonllos fóra. O resto da comunidade entrou e a porta pechouse. Logo do oficio saíron todas; deixeinas pasar e erguinme para seguilas de última. Desde ese momento comecei a me condenar a todo o que quixesen; acababan de prohibirme a igrexa, prohibinme eu mesma o refectorio e o recreo. Examinaba a miña situación desde todos os lados e só vía un recurso na necesidade do meu talento e na miña submisión. Contentaríame coa especie de esquecemento no que me deixaron durante varios días. Tiven algunhas visitas pero só me permitiron recibir a do señor Manouri. Encontreino, cando entrei á sala de visitas, precisamente como estaba eu cando recibín o seu emisario, coa cabeza inclinada sobre os brazos e os brazos apoiados contra a reixa. Recoñecino pero non lle dixen nada. Non se atrevía nin a mirarme nin a falarme.

—Señora –díxome sen alterarse–, escribinvos, ¿lestes a miña carta?

—Recibina pero non a lin.

—Ignorades entón...

—Non, señor, non ignoro nada. Adiviñei a miña sorte e resígnome a ela.

—¿Como se portan con vós?

—Aínda non se preocupan por min pero o pasado ensíname o que me prepara o futuro. Só teño un consolo e é que, privada da esperanza que me mantiña, é imposible que sufra tanto como xa sufrín. Morrerei. A falta que cometín non é das que se perdoan nun convento. Non lle pido a Deus que abrande o corazón daquelas a cuxa discreción lle agrada abandonarme, pero si que me conceda forza para soportar, que me salve da desesperación e que me chame a El logo.

—Señora –díxome, chorando–, aínda que fósedes a miña propia irmá non tería feito máis.

Este home ten o corazón sensible.

—Señora –engadiu–, se vos podo ser útil en algo, dispoñede de min. Visitarei ao primeiro presidente. El estímame. Verei os vicarios e o arcediago.

—Señor, non vexades a ninguén, acabouse todo.

—Pero, ¿se fose posible cambiarvos de convento?

—Hai demasiados atrancos.

—¿Cales son eses atrancos, entón?

—Un permiso difícil de obter. Habería que dar un novo dote ou retirar deste convento o vello. E despois, ¿que vou encontrar noutro convento? O meu corazón inflexible, superioras desapiadadas, relixiosas que non serán mellores cás de aquí, os mesmos deberes, os mesmos pesares. Máis vale que acaben aquí os meus días. Serán menos.

—Pero, señora, moita xente honesta interesouse por vós. A maioría é opulenta. Non vos reterán aquí se marchades sen levar nada.

—Créoo.

—Unha relixiosa que sae ou que morre aumenta o benestar das que quedan.

—Pero esas persoas honestas, esas persoas opulentas xa non pensan en min; e encontrarédelas distantes cando se trate de darme o dote á súa custa. ¿Por que queredes que lle sexa máis fácil á xente do mundo tirar da clausura unha relixiosa sen vocación que ás persoas piadosas facer entrar unha que se sente chamada? ¿Dáselles o dote facilmente a estas últimas? Señor, todo o mundo desapareceu desde que perdín o proceso, xa non vexo a ninguén.

—Señora, encargádeme só este asunto e quedarei moi contento.

—Nada pido, nada espero, a nada me opoño. O único resorte que me quedaba desapareceu. Se polo menos tivese a esperanza de que Deus me vai cambiar e que as calidades do estado relixioso lles van suceder na miña alma á esperanza de o deixar que xa perdín..., pero iso non é posible. Esta roupa pegouse á miña pel, aos meus ósos e aínda me estorba máis. ¡Que sorte! ¡Ser relixiosa para sempre e sentir que sempre se será unha mala relixiosa! ¡Pasar toda a vida a golpear a cabeza contra os barrotes da prisión...!

Nese momento, púxenme a berrar. Quería afogar os berros pero non podía. O señor Manouri, sorprendido por esta reacción, díxome:

—Señora, ¿podo atreverme a facervos unha pregunta?

—Facédea, señor.

—¿Unha dor tan forte non terá algún motivo secreto?

—Non, señor. Odio a vida solitaria. Sinto no meu interior que a odio. Sinto que a odiarei sempre. Non poderei suxeitarme a todas as miserias que enchen a xornada dunha reclusa. É un tecido de puerilidades que desprezo. Teríame afeito a ela se puidese afacerme. Intentei cen veces impoñerme, dobregarme á vontade do Señor. Non puiden. Envexei, pedinlle a Deus a feliz imbecilidade de espírito das miñas compañeiras. Non a obtiven, non ma concederá xamais. Fago todo mal. Digo todo ao revés. O defecto de vocación bota a perder todas as miñas accións. Vese. Insulto en todo momento a vida monástica. Chámaselle orgullo á miña inaptitude. Tratan de humillarme. As faltas e os castigos multiplícanse ata o infinito e paso os días a medir coa mirada a altura dos muros.

—Señora, non podería abatelos pero podo facer outra cousa.

—Señor, non intentedes nada.

—É necesario que cambiedes de convento. Ocupareime diso. Virei vervos. Espero que non vos oculten. Teredes novas miñas continuamente. Estade segura de que, se me dades o voso consentimento, conseguirei sacarvos de aquí. Se é que se portan con demasiada severidade con vós, non mo deixedes ignorar.

Era tarde cando o señor Manouri marchou. Volvín á cela. O oficio da tarde non tardou en soar. Cheguei das primeiras. Deixei pasar as relixiosas e deime por informada de que tiña que permanecer á porta. En efecto, a superiora pechouna ante min. Pola noite, na cea, fíxome sinal, ao entrar, de que me sentase no chan no medio do refectorio. Obedecín e non me serviron máis ca pan e auga. Comín un pouco mentres derramaba algunhas bágoas. Ao día seguinte reuníronse. Toda a comunidade foi convocada para xulgarme e condenáronme a quedar privada de recreo, a escoitar durante un mes o oficio á porta do coro, a comer no chan no medio do refectorio, a pedir perdón tres días seguidos, a renovar a toma de hábitos e os votos, a coller o cilicio, a xaxuar cada dous días e a macerarme despois do oficio da tarde todos os venres. Estaba de xeonllos, co veo baixo, mentres esta sentencia me era pronunciada.

Ao outro día, a superiora veu á miña cela cunha relixiosa que levaba debaixo do brazo un cilicio e aquel vestido de tecido rudo co que me vestiran cando me levaran ao alxube. Entendín o que significaba. Espinme ou, mellor dito, arrincáronme o veo, espíronme e puxen aquel vestido. Tiña a cabeza descuberta, os pés descalzos, o cabelo, longo, caíame polas costas e toda a miña roupa se reducía a aquel cilicio que me deron, a unha camisa moi basta e a aquel longo vestido que me chegaba do colo aos pés. Foi así como quedei vestida durante a xornada e como comparecín aos exercicios.

Pola noite, retireime á cela e oín que se achegaban cantando ladaíñas; era toda a comunidade ordenada en dúas filas. Entraron. Púxenme de pé. Pasáronme unha corda polo pescozo. Metéronme nunha man un facho aceso e unha disciplina na outra. Unha relixiosa colleu a corda por un extremo, tiroume ata o medio das dúas fileiras e a procesión colleu o camiño cara a un pequeno oratorio interior consagrado a Santa María. Viñeran cantando en voz baixa, volveron en silencio. Cando cheguei a aquel pequeno oratorio, que estaba iluminado por dúas luces, ordenáronme que lle pedise perdón a Deus e á comunidade polo escándalo que dera. Era a relixiosa que me conducía a que me dicía o que tiña que repetir e eu repetíao palabra a palabra. Despois disto, quitáronme a corda, espíronme ata a cintura; colléronme o pelo que estaba disperso polas costas, apartárono para un lado do pescozo; puxéronme na man dereita a disciplina que levaba na man esquerda e comezaron o Miserere. Entendín o que se esperaba de min e executeino. Cando o Miserere acabou, a superiora fíxome unha curta exhortación e apagaron as luces. As relixiosas retiráronse e eu volvinme vestir.

Cando entrei na miña cela, sentín fortes dores nos pés. Mireinos. Estaban todos ensanguentados polos cortes dos anacos de cristal que tiveran a maldade de expandir polo camiño. Pedín perdón da mesma maneira, os dous días seguintes. Só no último lle engadiron un salmo ao Miserere.

Ao cuarto día, devolvéronme os hábitos de relixiosa case coa mesma cerimonia que se lle dá a esta solemnidade cando é pública.

Ao quinto, renovei os meus votos. Cumprín durante un mes o resto da penitencia que se me impuxera. Despois disto volvín entrar pouco a pouco na orde común da comunidade. Volvín recuperar o meu lugar no coro e no refectorio e ocupábame na miña quenda das diferentes funcións do convento. Pero, ¡cal foi a miña sorpresa, cando observei a aquela nova amiga que se interesara por min! Pareceume case tan cambiada coma min. Estaba tan delgada que espantaba. Tiña no rostro a palidez da morte, os beizos brancos e os ollos case apagados.

—Sor Ursule –díxenlle moi baixo–, ¿que vos pasa?

—¿Que me pasa? –respondeume ela–. ¡Quérovos e preguntádesmo! Era hora de que o voso suplicio acabase. Morrería a causa del.

Se os dous últimos días da miña petición de perdón non me ferira nos pés, fora porque ela tivera a atención de varrer furtivamente os corredores e de retirar á dereita e á esquerda os anacos de vidro. Os días nos que estaba condenada a xaxuar a pan e auga, privábase dunha parte da súa ración, que envolvía nun trapo branco e que tiraba na miña cela. Botaran a sortes a relixiosa que me conduciría pola corda e a sorte caera sobre ela; tivo a firmeza de ir xunto á superiora e declararlle que prefería morrer a prestarse a aquela infame e cruel función. Felizmente, aquela rapaza era dunha familia importante; gozaba dunha boa pensión que empregaba ao antollo da superiora e encontrou, por algunhas libras de azucre e de café, unha relixiosa que aceptou o seu posto. Non ousaría pensar que a man de Deus descargase o seu peso sobre esta indigna pois volveuse tola e está pechada, pero a superiora vive, goberna, atormenta e ten boa saúde.

Era imposible que a miña saúde resistise a tan longas e duras probas. Caín enferma. Foi nesta circunstancia cando a irmá Ursule demostrou toda a amizade que sentía por min. Débolle a vida. Non era un ben que ela me coidase, dicíamo algunhas veces ela mesma. Malia iso, non había favor que non me fixese os días que estaba ela na enfermería. Os outros días non me descoidaban, grazas ao interese que ela mostraba por min e ás pequenas recompensas que distribuía entre as que me velaban, segundo eu estivese máis ou menos satisfeita. Pedira permiso para coidarme pola noite e a superiora non llo concedera, baixo o pretexto de que estaba demasiado delicada para soportar aquela fatiga. Isto causoulle unha gran pena. Todos os seus coidados non evitaron a progresión do mal. Quedei reducida ata o extremo. Recibín os últimos sacramentos. Algúns momentos antes, pedín ver a toda a comunidade xunta, o que me foi concedido. As relixiosas rodearon o meu leito coa superiora no medio. A miña nova amiga estaba na cabeceira e suxeitábame a man que regaba coas súas bágoas. Supuxeron que tiña algo que dicir. Levantáronme e sostivéronme sentada coa axuda de dúas almofadas. Entón, dirixíndome á superiora, rogueille que me dese a súa bendición e esquecese as faltas que cometera. Pedinlles perdón a todas as miñas compañeiras polo escándalo que provocara. Fixera traer onda min unha infinidade de bagatelas que adornaban a miña cela ou que eran do meu uso particular e rogueille á superiora que me permitise dispor delas. Consentiumo, e déillelas a aquelas que lle serviran de axudantes cando me levaran ao cárcere. Fixen que se achegase a relixiosa que me conducira pola corda o día que pedín perdón e díxenlle, abrazándoa e entregándolle o meu rosario e o meu crucifixo:

—Querida irmá, acordádevos de min nas vosas oracións e estade segura de que non me esquecerei de vós ante Deus.

¿Por que Deus non me levou nese momento? Eu ía ante El sen inquietude. É unha alegría tan grande... ¿Quen a pode asegurar dúas veces? ¿Quen sabe como estarei no último momento? Non obstante, é necesario que me refira a el. Queira Deus renovar as miñas penas e concedermo tan tranquilo como o tiña daquela. Vía o ceo aberto, e así o estaba sen dúbida; pois a conciencia entón non falla e prometíame unha felicidade eterna.

Despois de que me administrasen os últimos sacramentos, caín nunha especie de letargo; perderon a esperanza por min durante toda a noite. Viñan de cando en cando apalparme o pulso. Sentía unhas mans pasearse sobre o meu rostro e oía diferentes voces que dicían, coma de lonxe:

—Vaise. Ten o nariz frío. Non chegará a mañá. O rosario e o crucifixo quedarán para vós...

E outra voz irritada que dicía:

—Afastádevos. Afastádevos. Deixádea morrer en paz. ¿Non a atormentastes bastante xa...?

Foi un momento ben doce para min, cando saín desta crise e volvín abrir os ollos, encontrarme nos brazos da miña amiga. Non me abandonara. Pasara a noite a coidarme, a repetir as oracións dos agonizantes, a facerme bicar o crucifixo e a achegarlle os seus beizos, tras separalo dos meus. Creu, véndome abrir moito os ollos e soltar un profundo suspiro, que era o último, e púxose a gritar e a chamarme súa amiga e a dicir: «¡Meu Deus, tede piedade dela e de min! ¡Meu Deus, recibide a súa alma! Querida amiga, cando esteades perante Deus, acordádevos da irmá Ursule.» Eu mirábaa sorrindo con tristeza, vertendo unha bágoa e agarrándolle a man.

Chegou nese momento o señor Bouvard. É o médico do convento. É un home hábil segundo din, pero déspota, orgulloso e duro. Apartou a miña amiga con violencia. Apalpoume o pulso e a pel. Viña acompañado pola superiora e as súas favoritas. Fixo algunhas preguntas monosilábicas sobre o que pasara; dixo: «Sairá desta.» E mirando á superiora, a quen non lle agradaba o que dicía: «Si, señora», dille, «sairá desta. A pel está ben. A febre baixou e a vida comeza a despuntar nos seus ollos.»

A cada unha destas palabras, a alegría púñase de manifesto no rostro da miña amiga e sobre o da superiora e as súas compañeiras non sei que de pena que o esforzo non era capaz de disimular.

—Señor –díxenlle eu–, non quero vivir.

—Tanto peor –respondeume el.

Despois, ordenou algo e marchou. Dixéronme que durante o meu letargo, dixera varias veces: «Querida madre, chamádesme, entón, a vós. Vou, logo, unirme convosco. Contareivos todo.» Era, polo que parece, á miña anciá superiora a quen eu me dirixía. Non o dubido. Non lle dei o seu retrato a ninguén. Desexaba levalo comigo á tumba.

O prognóstico do señor Bouvard verificouse, a febre diminuíu, as abundantes suores acabaron de levala e xa non se dubidou da miña recuperación. Curei, en efecto, pero tiven unha convalecencia longa. Estaba escrito que sufriría naquel convento todas as penas que é posible experimentar. Houbera certa malignidade durante a miña enfermidade. A irma Ursule case non me deixara un momento. Cando eu comezaba a recuperar as forzas, perdéronse as súas. Alteráronselle as dixestións. Pola tarde, sufría desfalecementos que duraban algunhas veces ata un cuarto de hora. Entón, quedaba como morta, pechábanselle os ollos, unha suor fría cubríalle a fronte e mollábase coas gotas que fluían ao longo das súas meixelas; os brazos sen movemento colgábanlle aos lados; só se aliviaba un pouco ao desatarlle e afrouxarlle a roupa. Cando se recuperaba do desvanecemento, a súa primeira idea era a de me buscar ao seu lado e sempre me encontraba. Algunhas veces incluso, cando lle quedaba algún resto de consciencia ou de coñecemento, pasaba a man ao redor sen abrir os ollos. Esta acción era tan pouco equívoca que algunhas relixiosas, téndose ofrecido a aquela man que apalpaba e non sendo recoñecidas porque volvía caer sen movemento, dicíanme: «Sor Suzanne, é a vós a quen quere, achegádevos ...» Eu poñíame de xeonllos, poñía a man dela na miña fronte e ela permanecía así ata a fin do seu desvanecemento. Cando lle pasara, dicíame: «Ben, sor Suzanne, son eu a que me vou e vós a que quedades. Son eu quen a verei primeiro. Falareille de vós. Non me escoitará sen chorar. Se hai bágoas amargas tamén as hai doces, e se no ceo se ama, ¿por que non se vai chorar?» Entón, inclinaba a cabeza sobre o meu colo, choraba abundantemente e engadía: «Adeus, sor Suzanne. Adeus, miña amiga. ¿Quen compartirá as vosas penas cando eu xa non estea? ¿Quen...? ¡Ai, querida amiga, como me compadezo de vós!...Voume. Síntoo. Voume... Se fósedes feliz, ¡que pena tería de morrer!»

O seu estado causábame pavor. Falei coa superiora. Quería que a levasen á enfermería, que a dispensasen dos oficios e dos outros exercicios pesados do convento, que chamasen o médico, pero sempre me respondeu que non era nada, que eses desfalecementos pasarían sos e que a querida irmá Ursule non desexaba outra cousa que cumprir cos seus deberes e seguir a vida común.

Un día, despois dos matíns aos que ela asistira, non volveu aparecer. Pensei que estaba moi mal. Cando o oficio da mañá acabou, voei á cela dela. Encontreina deitada no leito, vestida. Díxome:

—Estades aquí, miña amiga. Supoñía que non tardariades en vir e esperábavos. Escoitádeme. ¡Que impaciencia tiña porque viñésedes! O meu desfalecemento foi tan forte e tan longo que crin que non me recuperaría e que xa non vos volvería ver. Tomade. Velaí a chave do meu oratorio. Abriredes o armario. Teredes que levantar unha pequena prancha que separa en dúas partes o caixón de baixo. Encontraredes detrás desta prancha un paquete de papeis. Nunca puiden decidirme a desfacerme deles, a pesar do perigo que correse ao gardalos e da dor que sentise ao lelos. ¡Ai!, case están borrados polas miñas bágoas. Cando xa non viva, queimádeos.

Estaba tan feble e oprimida que non puido pronunciar seguidas dúas palabras deste discurso. Paraba case a cada sílaba e ademais falaba tan baixo que me custaba entendela, aínda que tivese a orella pegada á súa boca. Collín a chave. Sinaleille o oratorio co dedo e acenoume coa cabeza afirmativamente. A continuación, presentindo que ía perdela e, convencida de que a súa enfermidade era unha consecuencia da miña, da pena que sentira ou dos coidados que me dedicara, púxenme a chorar e a aflixirme con toda a forza. Biqueille a fronte, os ollos, o rostro, as mans; pedinlle perdón; mentres, ela estaba como distraída, non me escoitaba e unha das súas mans repousaba sobre a miña cara e acariñábame. Creo que xa non me vía, incluso pode que crese que eu marchara, pois chamoume.

—¿Irmá Suzanne?

Díxenlle:

—Aquí estou.

—¿Que hora é?

—As once e media.

—Once e media. Ide comer..., ide, volveredes enseguida.

Chamaron para ir comer. Tiven que deixala. Cando estaba á porta, volveume chamar. Volvín, fixo un esforzo para me ofrecer as meixelas. Biqueillas. Colleume a man. Tíñama collida. Parecía que non quería, que non podía deixarme.

—Ten que ser, non obstante –dixo soltándome–, Deus así o quere. Adeus irmá Suzanne. Dádeme o meu crucifixo.

Metinllo entre as mans e marchei.

Cando estaban para erguerse da mesa, dirixinme á superiora. Faleille en presenza de todas as relixiosas do perigo que corría a irmá Ursule. Metinlle présa para que o comprobase ela mesma.

—Ben –dixo– hai que vela.

Subiu acompañada dalgunhas outras. Seguinas. Cando entraron na cela a pobre irmá xa non estaba viva; estaba estirada sobre o leito, completamente vestida, coa cabeza inclinada sobre a almofada, a boca entreaberta, os ollos pechados e o crucifixo entre as mans. A superiora mirouna friamente e dixo:

—Está morta. ¿Quen a crería tan cerca da súa fin? Era un rapaza excelente. Que toquen por ela e que a amortallen.

Quedei soa á súa cabeceira. Non podería describirvos a miña dor. Con todo, envexaba a súa sorte. Achegueime a ela, chorei, biqueina varias veces e púxenlle o pano sobre o rostro no que empezaban a alterarse os trazos. A continuación, preocupeime de executar o que me pedira. Para non ser interrompida naquela ocupación, esperei a que todo o mundo estivese no oficio. Abrín o oratorio, abatín a prancha e encontrei un rolo de papeis bastante considerable que queimei pola noite. Aquela moza sempre fora melancólica; non recordo tela visto sorrir, agás unha vez durante a miña enfermidade.

Alí estaba eu, entón, soa no convento e no mundo, pois non coñecía a ninguén máis que se interesase por min. Non volvera oír falar do avogado Manouri. Supuxen que ou ben se desanimara polas dificultades ou que, distraído polas diversións ou polas súas ocupacións, as ofertas de axuda que me fixera estaban ben lonxe da súa memoria, e non llo tomaba a mal. Teño o carácter predisposto á indulxencia. Podo perdoarlles todo aos homes excepto a inxustiza, a ingratitude e a inhumanidade. Escusaba, entón, ao avogado Manouri e a todas aquelas persoas que amosaran tanta vivacidade no curso do meu proceso e para quen eu xa non existía, e a vós mesmo, señor marqués, cando os nosos superiores eclesiásticos visitaron o convento.

Entran. Percorren as celas. Interrogan as relixiosas. Infórmanse da administración temporal e espiritual e, segundo o interese que poñen nas súas funcións, reparan ou aumentan a desorde. Volvín ver, daquela, o honesto e duro señor Hébert cos seu dous mozos e compasivos acólitos. Recordaron, ao parecer, o estado deplorable no que a outra vez comparecera ante eles porque se lles humedeceron os ollos e notei no seu rostro o entenrecemento e a alegría. O señor Hébert sentou e fíxome sentar fronte a el. Os seus compañeiros mantivéronse de pé detrás da súa cadeira; as súas miradas estaban fixas en min. O señor Hébert díxome:

—Ben, irmá Suzanne, ¿como vos tratan agora?

Respondinlle:

—Señor, ignóranme.

—Tanto mellor.

—É iso todo o que desexo tamén; pero teño un favor importante que pedirvos, é o de chamar aquí a madre superiora.

—¿Por que?

—Porque, se vos dan algunha queixa dela, non deixará de acusarme a min.

—Entendo; pero dicídeme todo o que sabedes.

—Señor, suplícovos que a fagades chamar e que ela mesma oia as vosas preguntas e as miñas respostas.

—Así e todo, falade.

—Señor, ides arruinarme.

—Non, non temades nada. Desde hoxe, xa non estades baixo a súa autoridade. Antes de acabar a semana seredes transferida a Sainte-Eutrope, preto de Arpajon. Tedes un bo amigo.

—¡Un bo amigo, señor! Non o coñezo.

—O voso avogado.

—¿O señor Manouri?

—O mesmo.

—Cría que xa non se acordaba de min.

—Visitou as vosas irmás, o señor arcebispo, o primeiro presidente, todas as persoas coñecidas pola súa piedade; fíxovos un dote no convento que vos acabo de mencionar e só tedes que permanecer aquí por pouco tempo. Polo tanto, se coñecedes calquera inxustiza, podedes dicirma sen vos comprometer e así volo ordeno pola santa obediencia.

—Non coñezo ningunha.

—¿Tomaron algunha medida contra vós desde a perda do voso proceso?

—Creron e fixeron crer que cometera unha falta retractándome dos meus votos e fixéronme pedirlle perdón a Deus.

—Pero son as circunstancias dese perdón as que eu querería saber...

E dicindo estas palabras sacudía a cabeza, engurraba o cello e entendín que só de min dependía devolverlle á superiora unha parte dos golpes de disciplina que me fixera dar; pero esa non era a miña intención. O arcediago viu que non sabería nada por min e saíu recomendándome o segredo sobre o que me confiara do meu traslado a Sainte-Eutrope de Arpajon. Cando o bo home Hébert camiñaba só polo corredor, os seus dous compañeiros volvéronse e saudáronme cun aire moi afectuoso e moi doce. Non sei quen son pero queira Deus conservarlles ese carácter tenro e misericordioso, que é tan raro no seu estado e que lles convén moito aos depositarios da febleza do home e aos intercesores da misericordia de Deus. Imaxinaba o señor Hébert ocupado en reprender algunha outra relixiosa cando entrou na miña cela. Díxome:

—¿De que coñecedes ao señor Manouri?

—Do meu proceso.

—¿Quen volo recomendou?

—A señora presidenta.

—¿Tivestes que falar a miúdo con el durante o curso do voso proceso?

—Non, señor, vino pouco.

—¿Como o informastes?

—Por algunhas memorias escritas da miña man.

—¿Tedes copia desas memorias?

—Non, señor.

—¿Quen lle enviaba esas memorias?

—A señora presidenta...

—¿E como a coñeciades?

—Coñecíaa pola irmá Ursule, amiga miña e parente dela.

—Vistes ao señor Manouri desde a perda do voso proceso?

—Unha vez.

—É ben pouco. ¿Non vos escribiu?

—Non, señor.

—Sen dúbida, contaravos o que fixo por vós. Ordénovos que non o vexades no locutorio e que, se vos escribe, sexa directa ou indirectamente, que me enviedes a súa carta sen abrila. Oíde, sen abrila.

—Si, señor, obedecereivos.

Sexa que a desconfianza do señor Hébert se dirixise a min ou ao meu benfeitor, sentinme ofendida.

O señor Manouri veu a Longchamp esa mesma tarde. Cumprín coa palabra dada ao arcediago. Negueime a falarlle. Ao día seguinte, escribiume polo seu emisario. Recibín a carta e envieilla sen abrir ao señor Hébert. Era martes, se non recordo mal. Esperaba con impaciencia o efecto da promesa do arcediago e das xestións do señor Manouri. O mércores, o xoves e o venres pasaron sen que oíse falar de nada. ¡Que longas me pareceron esas xornadas! Temía que aparecese calquera obstáculo que botase todo a perder. Non recobraba a miña liberdade pero cambiaba de prisión e era algo. Un primeiro suceso afortunado fai xermolar en nós a esperanza dun segundo, e esa é quizais a orixe do proverbio unha alegría non vén sen outra.

Coñecía as compañeiras que deixaba e non me custaba supoñer que gañaría algo vivindo con outras prisioneiras; fosen como fosen non podían ser nin máis malas nin peor intencionadas. O sábado pola mañá, sobre as nove, había unha grande axitación no convento. Fai falta ben pouca cousa para trastornar a cabeza das relixiosas. Ían e viñan. Falaban baixo. As portas dos dormitorios abríanse e pechábanse. Ese é, como xa o puidestes observar ata aquí, o sinal das revolucións monásticas. Estaba soa na cela, esperando. O corazón batíame con forza. Escoitaba á porta; miraba pola ventá; movíame sen saber que facía; dicíame a min mesma, estremecéndome de alegría: «Véñenme buscar a min; dentro de pouco xa non estarei aquí», e non me trabucaba.

Dúas persoas descoñecidas presentáronse ante min; era unha relixiosa e a torneira de Arpajon. Dixéronme en poucas palabras o motivo da súa visita. Collín tumultuosamente o pequeno botín que me pertencía. Tireino en desorde no mandil da torneira que o poñía en paquetes. Non pedín ver á superiora; sor Ursule xa non vivía, así que non deixaba a ninguén. Baixei, abríronme as portas, despois de ter revisado o que levaba. Subín nunha carroza e marchei.

O arcediago e os seus dous mozos eclesiásticos, a señora presidenta... e o señor Manouri xuntáranse coa superiora para avisala da miña saída. De camiño, a relixiosa íame falando do convento e a torneira engadía coma un refrán a cada frase de eloxio: «É a pura verdade.» Alegrábase de que a elixiran para irme buscar e quería ser amiga miña; en consecuencia, confioume algúns segredos e deume algúns consellos sobre a miña conduta. Eses consellos aparentemente eran usuais nela pero non podían selo en min. Non sei se vistes o convento de Arpajon. É un edificio cadrado, do que un dos lados dá ao camiño real e o outro ao campo e os xardíns. Había en cada ventá da primeira fachada unha, dúas ou tres relixiosas. Esta soa circunstancia ensinoume, sobre a orde que reinaba no convento, máis ca todo o que me dixeran a relixiosa e a súa compañeira. Ao parecer, coñecían o coche no que iamos pois, nun abrir e pechar de ollos, aquelas cabezas cubertas con veos desapareceron e cheguei á porta do meu novo convento. A superiora veu onda min cos brazos abertos, abrazoume, colleume pola man e levoume á sala da comunidade onde algunhas relixiosas me precederan e a onde outras acudiron.

Esta superiora chámase señora ... Antes de seguir adiante non podería resistirme ao desexo de describírvola. É unha muller pequena, gorda, aínda que rápida e viva nos seus movementos; a súa cabeza nunca descansa sobre os ombros, sempre hai algo que chama a atención no seu vestido; a súa figura é máis ben agradable; os seus ollos, dos que un, o dereito, está máis arriba e é máis grande có outro, están cheos de fogo e distraídos. Cando camiña, move os brazos de adiante a atrás; ¿quere falar? abre a boca antes de ter ordenado as ideas polo que tatabexa un pouco; ¿está sentada? móvese na cadeira de brazos como se algo a incomodase; esquece toda a decencia, ergue o seu pano para rañarse, cruza as pernas; interrógavos, respondédeslle e non vos escoita. Fala e pérdese, para sen máis, xa non sabe onde ía, enfádase e chámavos parva, estúpida, imbécil, se non a volvedes poñer en camiño. Móstrase, tan pronto familiar ata atuarvos, tan pronto autoritaria e orgullosa ata desprezarvos. Os seus momentos de dignidade son curtos; é alternativamente compasiva e dura; a súa figura descomposta pon de manifesto toda a desorde do seu espírito e toda a inestabilidade do seu carácter. Así, a orde e a desorde sucedíanse no convento. Había días nos que todo estaba confuso, as pensionistas coas novizas, as novizas coas relixiosas; unhas ían aos cuartos das outras; tomaban xuntas té, café, chocolate, licores; o oficio celebrábase coa celeridade máis indecente. No medio dese tumulto, o aspecto da superiora cambiaba subitamente; soaba a campá, había que pecharse, retirarse; o silencio máis profundo sucedía ao ruído, aos gritos e ao tumulto; e creríase que morreu todo de repente. ¿Unha relixiosa faltaba, nese momento, á máis mínima cousa? facíaa ir á súa cela, tratábaa con dureza, ordenáballe que se espise e que dese vinte golpes de disciplina. A relixiosa obedecía, espíase, collía a disciplina e mortificábase; pero cando apenas dera algúns golpes, a superiora, compadecéndose, arrincáballe o instrumento de penitencia, poñíase a chorar e a dicir que era moi desgraciada por ter que castigala; bicáballe a fronte, os ollos, a boca, os ombros, aloumiñábaa e loábaa. «¡Pero, que pel branca e doce ten! ¡Que gordura tan bonita! ¡Que colo ben feito! ¡Que noca tan bonita! Irmá Sainte-Augustine, estades morta de vergonza; deixa caer a roupa, son muller e a túa superiora. ¡Ai, que gorxa tan bonita! ¡Que firme! ¡Sufriría se a ferisen con agullas! Non, non, non será.» Volvía bicala; volvía levantala; volvía vestila; dicíalle as cousas máis doces, dispensábaa dos oficios e mandábaa á súa cela. Vívese mal con este tipo de mulleres. Nunca se sabe o que lles vai gustar ou desgustar, o que hai que evitar ou facer. Non hai ningunha regra. Ou se é servido con profusión ou se morre de fame. A economía do convento desordénase; as amoestacións son ou mal tomadas ou descoidadas. Sempre se está ou demasiado cerca ou demasiado lonxe das superioras deste carácter. Non hai nin verdadeira distancia nin mesura. Pásase da desgraza ao favor e do favor á desgraza sen que se saiba o porqué. ¿Queredes que vos poña, cunha pequena anécdota, un exemplo xeral da súa administración? Dúas veces ao ano, corría de cela en cela e facía tirar polas fiestras todas as botellas de licor que encontraba e, catro días despois, ela mesma volvía enviarllas á maior parte das relixiosas. Velaí a quen lle fixera o voto solemne de obediencia pois levamos os nosos votos dun convento noutro.

Entrei con ela; conduciume colléndome pola cintura. Serviron unha colación de froitas, mazapáns e confeitos. O grave arcediago comezou a eloxiarme e ela interrompeuno:

—Actuaron mal, actuaron mal, seino.

O grave arcediago quixo continuar, e a superiora interrompeuno de novo:

—¿Como se desfixeron dela? É a modestia e a dozura mesma; din que ten moito talento...

O arcediago quixo retomar as súas últimas palabras; a superiora volveu interrompelo, dicíndome, en voz baixa á orella:

—Quérovos con loucura e, cando estes pedantes marchen, farei que veñan as nosas irmás e cantarédesnos unha cancionciña, ¿non é?

Déronme ganas de rir. O grave señor Hébert quedou un pouco desconcertado; os seus dous compañeiros mozos sorrían pola súa incomodidade e pola miña. Non obstante, o señor Hébert recobrou o seu carácter e as súas maneiras acostumadas, ordenoulle bruscamente que sentase e impúxolle silencio. Ela sentou mais non estaba a gusto; atormentábase no asento; rañaba a cabeza; reacomodaba o vestido onde non estaba engurrado; bocexaba mentres o arcediago peroraba sensatamente sobre o convento que eu acababa de abandonar; sobre as contrariedades que sufrira, sobre aquela casa na que entraba, sobre a obriga de agradecemento que lles debía ás persoas que me axudaran. Nese momento mirei ao señor Manouri. Baixou a mirada. Entón, a conversa volveuse máis xeral. O penoso silencio imposto á superiora cesou. Achegueime ao señor Manouri. Agradecinlle os favores que me fixera. Eu estaba tremendo. Balbucía. Non sabía que recoñecemento lle prometer. A miña turbación, o meu embarazo, a miña tenrura, pois estaba verdadeiramente conmovida, unha mestura de bágoas e de alegría, todos os meus xestos lle falaron moito mellor do que o podería facer con palabras. A súa resposta non foi máis ordenada có meu discurso; estaba tan turbado coma min. Non sabía o que me dicía pero entendín que se sentiría de sobra recompensado se conseguira suavizar o rigor da miña sorte, que se acordaría do que fixera con aínda máis pracer ca min, que o amolaba ben que as súas ocupacións, que o ataban ao Palais de París, non lle permitisen visitar frecuentemente o convento de Arpajon pero que esperaba do señor arcediago e da señora superiora, o permiso de informarse sobre a miña saúde e a miña situación. O arcediago non escoitou isto pero a superiora respondeu:

—Señor, sempre que queirades. Ela vai facer todo o que desexe.Trataremos de resarcila aquí das penas que lle causaron.

E despois, moi baixo, a min:

—Miña filla, tiveches que sufrir moito. Pero esas mulleres de Long-Champ, ¿como tiveron a coraxe de te maltratar? Coñecín á túa superiora. Fomos pensionistas xuntas en Port-Royal. Era o pesadelo das outras. Teremos tempo de vernos. Xa me contarás todo.

E, dicindo estas palabras, colleume unha man na que me daba pequenos golpes coa súa. Os mozos eclesiásticos cumprimentáronme tamén. Fixérase tarde. O señor Manouri despediuse de nós. O arcediago e os seus compañeiros foron cabo de M..., señor de Arpajon, quen os convidara, e quedei soa coa superiora pero non por moito tempo. Todas as relixiosas, todas as novizas, todas as pensionistas acudiron en confusión, nun instante vinme rodeada por unha centena de persoas. Non sabía a quen escoitar nin a quen responder. Había caras de toda especie e palabras de todas as cores. Non obstante, discernín que non estaban descontentas nin coas miñas respostas nin coa miña persoa.

Cando esta inoportuna conferencia levaba certo tempo e a primeira curiosidade estivo satisfeita, a multitude diminuíu, a superiora apartou o resto e veu ela mesma instalarme na miña cela. Fíxome os honores á súa maneira. Amosábame o oratorio e dicíame:

—Aí é onde a miña amiguiña lle rezará a Deus. Quero que lle poñan un coxín sobre o banzo para que non se fira nos xeonllos. Non hai auga bendita nesta pía. Esta irmá Dorothée sempre se esquece de algo. Probade esta cadeira de brazos, vede se vos é cómoda...

E falando así, sentoume, inclinoume a cabeza sobre o respaldo e bicoume na fronte. Despois, foi ata a ventá para asegurarse de que os bastidores se erguían e se baixaban facilmente; foi ata a cama, e tirou e apartou as cortinas para ver se pechaban ben. Examinou as mantas: «Son boas.» Colleu a almofada e, facendo que se inchase, dicía: «Esa cabeciña estará moi ben aquí enriba. Estas sabas non son finas pero son as da comunidade. Este colchón é bo.» Feito isto, veu onda min, abrazoume e deixoume. Mentres sucedía esta escena, eu dicíame a min mesma: «¡Oh, que muller tan louca!», e contei con días bos e malos.

Instaleime na cela. Asistín ao oficio da tarde, á cea, ao recreo que seguiu. Algunhas relixiosas achegáronse a min, outras afastáronse. Aquelas contaban coa miña protección ante a superiora, estas estaban xa alarmadas pola predilección que me concedera. Nos primeiros momentos houbo eloxios recíprocos, preguntas sobre o convento que abandonara, tenteos do meu carácter, das miñas inclinacións, dos meus gustos e da miña intelixencia. Sóndanvos por todas as partes. Trátase dunha serie de pequenas trampas que vos tenden e de onde se tiran as consecuencias máis xustas. Por exemplo, soltan unha palabra de murmuración e obsérvanvos. Empezan unha historia e esperan que pidades a continuación ou que a deixedes. Se dicides unha palabra normal, encóntrana encantadora, aínda que ben se saiba que non o é. Elóxianvos ou censúranvos a mantenta. Intentan descubrir os vosos pensamentos máis secretos. Interróganvos sobre as vosas lecturas. Ofrécenvos libros sagrados e profanos, toman nota da vosa elección, convídanvos a cometer lixeiras infraccións da regra, fanvos confidencias, deixan caer palabras sobre os defectos da superiora. Todo se recolle e se repite. Déixanvos. Volven onda vós. Sondan os vosos sentimentos sobre os costumes, a piedade, o mundo, a relixión, a vida monástica, sobre todo. Destas experiencias reiteradas resulta un epíteto que vos caracteriza e que se une coma alcume ao voso nome. Así, a min chamáronme Sainte-Suzanne, a reservada.

A primeira noite, tiven a visita da superiora. Veu cando me tiña que espir. Foi ela quen me quitou o veo e o pano e quen me peiteou. Foi ela quen me espiu. Dirixiume cen frases doces e fíxome mil caricias que me fixeron sentir un pouco incómoda, non sei por que, pois non entendía nada nin ela tampouco. Incluso agora, que reflexiono niso, ¿que podería ter entendido? Non obstante, faleille diso ao meu director espiritual e tratou esa familiaridade, que me parecía inocente e que aínda mo parece, cun ton moi serio e prohibiume, gravemente, que me volvese prestar ao mesmo de alí en diante. Bicoume no pescozo, nos ombros, nos brazos; loou a miña gordura e a miña cintura, e meteume na cama; subiume as mantas dun e doutro lado, bicoume nos ollos, correu as cortinas e marchou. Esquecinme de dicirvos que supoñía que eu estaba cansa e que me deu permiso para quedar na cama o tempo que quixese.

Aproveitei o seu permiso. Esta foi, creo, a única boa noite que pasei no convento aínda que nunca tivese saído del. Ao día seguinte, a iso das nove, oín petar á miña porta suavemente. Aínda estaba deitada. Respondín e entraron. Era unha relixiosa que me dixo de bastante mal humor que era tarde e que a madre superiora me reclamaba. Erguinme. Vestinme de présa e fun.

—Bos días, miña nena –díxome ela–, ¿pasastes boa noite? Velaí o café que vos está esperando hai unha hora. Creo que estará bo. Apurádevos a tomalo e despois charlaremos.

E dicindo todo isto, estendeu un pano na mesa e, despregando outro para min, verteu o café e botoulle azucre. As demais relixiosas facían outro tanto unhas coas outras. Mentres almorzaba, faloume das miñas compañeiras, pintoumas segundo a súa aversión ou o seu gusto, fíxome mil aloumiños, mil preguntas sobre o convento que deixara, sobre os meus pais, sobre as adversidades que pasara, loou, censurou ao seu antollo, non escoitou ningunha resposta das miñas ata a fin; eu non a contradixen; quedou contenta da miña intelixencia, do meu xuízo e da miña discreción. Mentres, veu unha relixiosa, despois outra, despois unha terceira, despois unha cuarta, unha quinta; falan das extravagancias daquela madre, dos tics dunha das irmás, das ridiculeces das ausentes; divírtense. Había un pequeno clavecín nun recanto da cela; pousei os dedos nel por distracción pois, acabada de chegar ao convento e non coñecendo aquelas ás que ridiculizaban, non me divertía, e aínda que estivese ao corrente non me divertiría máis. Hai que ter demasiado enxeño para facer chanzas e, á parte, ¿quen non ten algún defecto? Mentres rían, eu dei uns acordes. Pouco a pouco atraín a atención. A superiora veu onda min e, dándome unha palmadiña nas costas, dime:

—Veña, Sainte-Suzanne, entretédenos. Toca primeiro, despois cantarás.

Fixen o que me dicía, toquei algunhas pezas que sabía de memoria; preludiei como me pareceu e despois cantei algúns versículos dos salmos de Mondonville.

—Iso está moi ben –díxome a superiora– pero temos toda a santidade que queremos na igrexa. Estamos soas, estas son amigas miñas e tamén o serán túas; cántanos algo máis alegre.

Algunhas das relixiosas dixeron:

—Quizais non saiba outra cousa. Está cansa da viaxe. Hai que coidala. É suficiente por esta vez.

—Non, non –dixo a superiora–, acompáñase de marabilla. Ten a voz máis bonita do mundo (en efecto, non a teño fea, aínda que con máis precisión, dozura e flexibilidade ca forza e amplitude). Non a deixarei ata que nos cante outra cousa.

Sentíame un pouco ofendida polas palabras das relixiosas; respondinlle á superiora que as irmás xa non se divertían.

—Pero eu aínda me divirto.

Sospeitaba aquela resposta. Cantei, entón, unha cancionciña bastante delicada e todas aplaudiron, loáronme, abrazáronme, acariñáronme, pedíronme unha segunda; hipócritas garatuxas ditadas pola resposta da superiora. Non había case ningunha que non me quitase a voz e que non me rompese os dedos se puidese. Ás que quizais non escoitaran música na súa vida ocorréuselles dicir sobre o meu canto palabras tan ridículas coma desagradables que non lle gustaron á superiora.

—Estade caladas –dilles ela–. Toca e canta coma un anxo e quero que veña aquí todos os días; antes sabía un pouco de clavecín e quero que ela me volva aprender.

—¡Ai!, señora –díxenlle eu–, cando se aprendeu non se esqueceu de todo.

—Desde logo. Déixame o teu sitio...

Ela preludiou. Tocou pezas tolas, raras, inconexas coma as súas ideas; pero vin, a pesar de todos os defectos da súa execución, que tiña a man infinitamente máis lixeira ca min. Díxenllo, pois a min gústame eloxiar e raramente perdín a ocasión de o facer, a verdade. ¡É tan doce! As relixiosas eclipsáronse unhas tras as outras e quedei case soa coa superiora tocando. Ela estaba sentada, eu de pé, tíñame as mans collidas e dicíame, apertándoas: «Pero ademais de que toca ben, ten uns dedos preciosos. Vede se non, irmá Thérèse...» A irmá Thérèse baixou os ollos, púxose rubia e tatexou. Non obstante, que eu tivese os dedos bonitos ou non, que a superiora se equivocase ou tivese razón de facelo notar, ¿que máis lle tiña a aquela irmá? A superiora abrazoume pola cintura e díxome que tiña un talle moi fermoso; atraérame contra ela e fíxome sentar nos seus xeonllos. Ergueume a cabeza coas mans e convidoume a mirala; loou os meus ollos, a miña boca, as miñas meixelas, a miña pel; eu non dicía nada, tiña a mirada baixa e deixaba que me fixese todas as caricias coma unha infeliz. A irmá Thérèse estaba distraída, inqueda; paseaba de dereita a esquerda, tocáballe a todo sen ter necesidade de nada; non sabía qué facer dela; miraba pola ventá; creu que oíra chamar á porta e a superiora díxolle:

—Sainte-Thérèse, podes marchar se te aburres.

—Señora, non me aburro.

—Teño mil cousas que preguntarlle a esta rapaza.

—Créoo.

—Quero saber toda a súa historia. ¿Como vou reparar as penas que lle causaron se as ignoro? Quero que mas conte, sen omitir nada. Estou segura de que me romperá o corazón e que chorarei, pero non importa. Sainte-Suzanne, cando vou saber todo?

- Cando o ordenedes, señora.

- Pediríacho inmediatamente se tivésemos tempo. ¿Que hora é?

A irmá Thérèse respondeu:

—Señora, son as cinco e van tocar para as vésperas.

—Aínda así, que empece.

—Pero, señora, prometerádesme un momento de consolación antes das vésperas. Teño pensamentos que me inquietan. Gustaríame abrirlle o meu corazón á superiora. Se vou ao oficio sen facelo, non poderei rezar. Estarei distraída.

—Non, non –dixo a superiora–, estás tola coas túas ideas. Aposto a que sei o que pasa. Falaremos mañá diso.

—¡Ah!, querida madre –díxolle a irmá Thérèse, botándose aos pés da superiora e desfacéndose en bágoas-, que sexa agora.

—Señora –díxenlle á superiora–, erguéndome dos seus xeonllos nos que permanecía–, concedédelle á miña irmá o que vos pide. Curade a súa angustia; eu voume retirar. Xa terei tempo de satisfacer o interese que mostrastes por min e, cando escoitedes a irmá Thérèse, deixará de sufrir.

Fixen un movemento cara á porta para saír; a superiora retívome por unha man; a irmá Thérèse de xeonllos apoderárase da outra, bicáballa e choraba e a superiora díxolle:

—De verdade, Sainte-Thérèse, es ben molesta coas túas inquedanzas. Xa cho dixen, iso desagrádame, moléstame e non quero que me molesten.

—Seino, pero non son dona dos meus sentimentos. Aínda que quixese non podería...

Mentres, eu retirárame e deixara coa superiora a nova irmá. Non puiden evitar observala na igrexa. Estaba abatida e triste. Cruzamos varias miradas e pareceume que lle custaba soster a miña. En canto á superiora, estaba adurmiñada na cadeira do coro.

O oficio foi despachado nun abrir e pechar de ollos. O coro non era, polo que me pareceu, o lugar do convento que máis gustaba. Saíron coa rapidez e a cháchara dunha tropa de paxaros que escapase dunha paxareira e as irmás esparexéronse unhas coas outras, correndo, rindo, falando; a superiora pechouse na cela e a irmá Thérèse parou na porta da súa, espiándome como se tivese a curiosidade de saber qué ía facer eu. Entrei na miña cela e a porta da irmá Thérèse non se pechou ata algún tempo despois, e pechouse suavemente. Veume á idea que aquela moza estaba celosa de min e que temía que eu lle roubase o lugar que ela ocupaba no favor e na intimidade da superiora. Observeina varios días seguidos e cando me crin suficientemente segura da miña sospeita, polas súas pequenas cóleras, as súas puerís alarmas, a súa perseveranza en seguirme a pista, en examinarme, en meterse entre a superiora e eu, en interromper as nosas conversas, en menosprezar as miñas calidades, en destacar os meus defectos e, sobre todo, pola súa palidez, a súa dor, os seus prantos, o deterioro da súa saúde e mesmo do seu espírito, fun onda ela e díxenlle:

—Querida amiga, ¿que tedes?

Non me respondeu. A miña visita sorprendeuna e resultoulle incómoda; non sabía nin qué dicir nin qué facer.

—Non sodes xusta comigo. Sede sincera. Temedes que abuse da inclinación que a nosa madre sente por min, que vos afaste do seu corazón. Tranquilizádevos. Iso non está no meu carácter. Se algunha vez fose o bastante feliz para obter algún poder sobre o seu espírito...

—Teredes todo o que queirades, pois ela ámavos. Fai hoxe por vós, precisamente, o que fixo por min ao comezo.

—Ben, estade segura de que non usarei a confianza que me concede senón para que vos queira máis.

—¿E vai depender de vós?

—¿E por que non ía depender?

En lugar de responderme, botouse no meu colo e díxome suspirando:

—Non é culpa vosa, ben o sei, dígomo a todo momento pero prometédeme...

—¿Que queredes que vos prometa?

—Que...

—Acabade. Farei todo o que estea na miña man.

Ela vacilou, tapou os ollos coas mans e díxome en voz tan baixa que apenas a oía:

—Que a veredes o menos posible.

Esta petición pareceume tan estraña, que non puiden absterme de lle responder:

—¿E que vos importa se vexo a miúdo ou raramente a nosa superiora? Eu non me enfado porque a vexades continuamente, polo tanto, vós non debedes enfadarvos tampouco porque eu faga o mesmo; ¿non é suficiente que vos prometa que non vos prexudicarei ante ela, nin a vós nin a ninguén?

Ela só me respondeu cunhas palabras que pronunciou dunha maneira tan dolorosa, separándose de min e tirándose na cama:

—¡Estou perdida!

—¡Perdida!, ¿e por que? Debedes crer que son a criatura máis perversa que hai no mundo.

Estabamos nisto cando entrou a superiora. Fora á miña cela e como non me encontrara alí, percorrera case todo o convento inutilmente; non se lle ocorreu pensar que estivese con Sainte-Thérèse. Cando llo dixeron as que mandara saber de min, veu. Notábaselle un pouco de turbación na mirada e no rostro, pero toda a súa persoa estaba moi raramente equilibrada. Sainte-Thérèse permanecía en silencio, sentada na cama. Eu, de pé. Díxenlle:

—Miña querida madre, pídovos perdón por vir aquí sen o voso permiso.

—É certo –respondeume– que sería mellor que mo pedirades.

—Pero sentín compaixón por esta querida irmá. Vin que estaba sufrindo.

—¿E por que?

—¿Debo dicírvolo? ¿E por que non volo ía dicir? É unha delicadeza que lle fai tanto honor á súa alma e que amosa con moita forza o seu cariño por vós. As mostras de bondade que me fixestes alarmaron a súa tenrura. Temeu que eu obtivese no voso corazón a preferencia sobre ela. Este sentimento de celos, tan honesto polo demais, tan natural e tan afagador para vós, querida madre, volveuse, polo que me pareceu, cruel para a miña irmá e estaba tranquilizándoa.

A superiora, despois de me escoitar, tomou un aire severo e impoñente e díxolle:

—Irmá Thérèse, ameivos e aínda vos amo. Non teño de que queixarme de vós e non teredes de que queixarvos de min; pero non podería soportar esas pretensións exclusivas. Desfacédevos delas se tedes medo de extinguir o que me queda de atracción por vós e se recordades a sorte da irmá Agathe.

Despois, virando cara a min, díxome:

—É a morena alta que vedes no coro en fronte miña.

Eu relacionábame tan pouco, había tan pouco tempo que estaba no convento e era tan nova que non sabía aínda todos os nomes das miñas compañeiras. Engadiu:

—Amábaa cando sor Thérèse entrou aquí e eu a comecei a querer. Ela tivo as mesmas inquietudes e cometeu as mesmas loucuras. Advertina, pero non se corrixiu e vinme obrigada a chegar a métodos severos que duraron demasiado tempo e que son contrarios ao meu carácter, pois todas vos dirán que son boa e que só castigo contra o meu gusto.

Despois, dirixíndose a Sainte-Thérèse, engadiu:

—Miña filla, non quero que me molesten, xa volo dixen. Coñecédesme; non fagades que me anoxe.

A continuación, díxome, apoiándose cunha man no meu ombro:

—Vide, Sainte-Suzanne, acompañádeme.

Saímos. Sainte-Thérèse quixo seguirnos pero a superiora, xirando a cabeza neglixentemente por riba do ombro, díxolle cun ton despótico:

—Metédevos na cela e non saiades dela ata que eu volo permita.

Obedeceu, pechou a porta con forza e soltou algunhas frases que fixeron estremecer a superiora, non sei por qué pois non tiñan sentido. Vin a súa cólera e díxenlle:

—Querida madre, se sentides algún cariño por min, perdoádelle á miña irmá Thérèse. Perdeu a cabeza. Non sabe o que di nin o que fai.

—¡Que lle perdoe! Gustaríame pero, ¿que me daredes?

—¡Ai!, querida madre, ¿serei eu bastante feliz para ter algo que vos agrade e que vos sosegue?

Baixou a mirada, púxose rubia e suspirou. En verdade, era coma unha amante. Díxome enseguida, tirándose indolentemente sobre min como se desfalecese:

—Achegade a vosa fronte para que vola bique...

Inclineime, e bicoume na fronte.

Desde ese momento, tan pronto como unha relixiosa cometera algunha falta, eu intercedía por ela e estaba segura de obter o perdón a cambio dalgún favor inocente. Era sempre un bico na fronte, no colo, nos ollos, nas meixelas, na boca, nas mans, na gorxa ou nos brazos, pero máis a miúdo na boca. Dicía que eu tiña o alento puro, os dentes brancos e os beizos frescos e vermellos. A verdade é que sería moi bela se merecese a máis mínima parte dos eloxios que ela me dicía; se era a miña fronte, era branca, lisa e dunha forma encantadora; se eran os meus ollos, eran brillantes; se eran as miñas meixelas, eran vermellas e doces; se eran as miñas mans, eran pequenas e gordechas; se era a miña gorxa, era da firmeza da pedra e dunha forma admirable; se eran os meus brazos, era imposible telos mellor torneados e máis redondos; se era o meu colo, ningunha irmá o tiña mellor feito e dunha beleza máis exquisita e máis rara. ¡Que sei canto que me dicía! Había algo de certo nas súas loanzas; rebaixaría moitas pero non todas. Algunhas veces, mirándome da cabeza aos pés, cun aire de compracencia que non lle vin a ningunha outra muller, dicíame:

—Non, é unha gran sorte que Deus a chamase para o retiro. Con esa figura, no mundo, condenaría a tantos homes como vise e condenaríase con eles. Deus fai ben todo o que fai.

Mentres avanzabamos cara á súa cela, dispoñíame a deixala, pero colleume pola man e díxome:

—É demasiado tarde para comezar a historia de Sainte-Marie e de Longchamp, pero entrade, darédesme unha leccionciña de clavecín.

Seguina; nun momento abriu o clavecín, preparou o libro e achegou unha cadeira, pois era rápida; eu sentei. Pensou que podía ter frío así que desatou de enriba das cadeiras un coxín que colocou diante miña, agachouse e colleume os pés para pólos enriba. A continuación, colocouse detrás da cadeira e apoiouse sobre o respaldo. Nun principio dei uns acordes, despois toquei algunhas pezas de Couperin, de Rameau, de Scarlatti; entre tanto, ela erguérame unha esquina da touca; puxera a man sobre o meu ombro espido e a extremidade dos dedos na gorxa. Suspiraba, parecía oprimida, empezou a respirar con dificultade, ao principio apertou con forza a man que tiña sobre o meu ombro, despois deixou de apertar, como se quedase sen forza e sen vida e a súa cabeza caeu sobre a miña. Realmente, aquela tola tiña unha sensibilidade incrible e un impresionante gusto pola música. Nunca coñecín a ninguén sobre quen producise efectos tan singulares.

Estabamos entreténdonos así dunha maneira tan simple coma doce cando, de súpeto, ábrese a porta con violencia; asusteime, e a superiora tamén: era a excéntrica Sainte-Thérèse. Traía a roupa toda descolocada e a mirada turbada; examinounos a unha e a outra coa máis rara atención; tremíanlle os beizos, non podía articular. A pesar disto, repúxose e botouse aos pés da superiora. Unín a miña súplica á dela e obtiven outra vez o seu perdón pero a superiora díxolle de maneira moi firme que sería a última vez, polo menos para faltas desta natureza, e saímos as dúas xuntas.

Volvendo ás nosas celas, díxenlle:

—Querida irmá, tede coidado, ides facer que se enfade a madre. Non vos vou abandonar, pero botaredes a perder o meu creto ante ela e desesperareime por non poder facer nada nin por vós nin por ningunha outra. ¿Cales son as vosas ideas?

Non me respondeu.

—¿Que temedes de min?

Non respondeu.

—¿Acaso a nosa madre non nos pode amar por igual a ambas as dúas?

—Non, non –respondeume ela con violencia–, non pode. Dentro de nada odiarame e morrerei de dor. ¡Ai!, ¿por que viñestes aquí? Non seredes feliz moito tempo, estou segura, e eu serei desgrazada para sempre.

—Pero –dígolle–, é unha gran desgraza, seino, perder a benevolencia da superiora, mais coñezo outra maior: a de telo merecido. ¿Non tedes nada que reprocharvos?

—¡Ai!, non, por Deus.

—Se vos acusades no voso interior dalgunha falta, tedes que reparala; e o medio máis seguro é o de soportar pacientemente a pena.

—Non podería, non podería; e ademais, ¿correspóndelle a ela castigarme?

—Ela, ¿irmá Thérèse?, ela, ¿fálase así dunha superiora? Iso non está ben, esquecédesvos. Estou segura de que esta falta é máis grave ca ningunha das que vos reprochades.

—Así o quixese Deus –dime outra vez–. Así o quixese Deus.

E separámonos, ela para irse aflixir na súa cela e eu para ir pensar na miña na rareza da cabeza das mulleres.

Velaí o efecto do retiro. O home naceu para vivir en sociedade. Separádeo, illádeo e as súas ideas dispersaranse, alterarase o seu carácter, nacerán no seu corazón mil afeccións ridículas, xermolarán no seu espírito pensamentos extravagantes coma silvas nunha terra silvestre. Colocade un home nun bosque e volverase feroz. Nun claustro, onde a idea da necesidade se une á da servidume, será peor aínda. Pódese saír dun bosque pero da clausura xa non se sae. Ése libre no bosque, mais na clausura ése escravo. Quizais faga falta máis forza de ánimo aínda para resistir a soidade cá miseria. A miseria envilece. O retiro deprava. ¿Vale máis vivir na abxección que na loucura? Non me atrevería a decidir, pero hai que evitar unha e mais a outra.

Eu vía medrar de día a día a tenrura que a superiora concibira por min. Estaba continuamente na súa cela ou ela viña á miña. Á menor indisposición enviábame á enfermería; dispensábame dos oficios; ordenábame deitarme cedo ou prohibíame a oración da mañá. No coro, no refectorio ou no recreo, encontraba a forma de darme mostras de amizade. No coro, se había algún versículo que contivese algún sentimento afectuoso e tenro, cantábao dirixíndose a min ou mirábame se era cantado por outra. No refectorio, enviábame sempre algo exquisito do que lle serviran; no recreo, abrazábame pola cintura e dicíame as cousas máis doces e amables. Non lle facían ningún regalo que non compartise comigo: chocolate, azucre, café, licores, tabaco, roupa, panos, o que fose; espira a súa cela de estampas, utensilios, mobles e unha infinidade de cousas agradables ou cómodas, para embelecer a miña. Non podía ausentarme un momento sen que á volta non me encontrase enriquecida con algún galano. Íalle dar as grazas e ela experimentaba unha alegría que non se pode expresar; abrazábame, aloumiñábame, collíame no colo, falábame das cousas máis secretas do convento e prometíase, se eu a quería, unha vida mil veces máis feliz ca aquela que tería vivido no mundo. Despois disto paraba, mirábame con ollos entenrecidos e dicíame:

—Irmá Suzanne, ¿amádesme?

—¿Como non vos vou amar? Tería que ter unha alma ben ingrata.

—É certo.

—Sodes tan bondadosa...

—Dicide mellor que sinto gusto por vós...

E pronunciando aquelas palabras, baixaba a mirada, a man coa que me tiña abrazada apertábame con máis forza; aquela que apoiara sobre o meu xeonllo facía máis presión; atraíame cara a si; o meu rostro encontrábase colocado sobre o seu; suspiraba; recostábase sobre a cadeira; tremía; diríase que tiña algo que confiarme pero que non se atrevía; choraba e despois dicíame:

—¡Ai!, irmá Suzanne, vós non me queredes.

—¿Non vos quero, querida madre?

—Non.

—Dicídeme qué teño que facer para demostrárvolo.

—Deberiades adiviñalo.

—Inténtoo, mais non adiviño nada.

Entrementres, erguera a touca e puxera unha das miñas mans sobre a súa gorxa. Calou e eu calei tamén. Parecía experimentar un gran pracer. Invitoume a que lle bicase a fronte, as meixelas, os ollos e a boca, e obedecina pois non creo que houbese nada malo niso. Desta maneira, o pracer dela crecía e como eu non quería outra cousa que contribuír á súa felicidade dunha maneira tan inocente, bicábaa outra vez na fronte, nas meixelas, nos ollos e na boca. A man que puxera sobre o meu xeonllo paseábase por toda a miña roupa, desde a extremidade dos pés ata a cintura, apertándome un pouco nun sitio, outro pouco noutro; animábame, tatabexando e cunha voz alterada e suave, a redobrar as miñas caricias; eu redobrábaas. Á fin, chegou un momento, non sei se de pracer ou de pena, no que se puxo pálida coma a morte, pecháronselle os ollos, estirou o corpo todo con violencia, pecháronselle primeiro os beizos que estaban humedecidos coma por unha lixeira escuma, despois entreabríuselle a boca e pareceume que ía morrer dando un profundo suspiro. Erguinme bruscamente; pensei que se encontraba mal; quixen saír; pedir auxilio. Abriu un chisco os ollos e díxome, cunha voz apagada:

—¡Inocente!, non pasa nada. ¿Que ides facer?, parade...

Mireina cuns grandes ollos aparvados, sen saber se debía quedar alí ou saír. Volveu abrir os ollos. Xa non era capaz de falar; acenoume para que me achegase e me volvese colocar no seu seo. Non sabía qué me pasaba. Tiña medo. Tremía. Latexábame o corazón. Custábame respirar. Sentíame turbada, oprimida, axitada, asustada. Parecíame que as forzas me abandonaban e que me ía esvaecer; con todo, non podería dicir que fose pena o que sentía. Fun onda ela; acenoume coa man outra vez para que sentase nos seus xeonllos; sentei. Ela estaba coma morta e eu coma se fose morrer. Permanecemos bastante tempo unha e a outra neste singular estado. Se calquera relixiosa aparecese, en verdade que se espantaría. Imaxinaría ou que nos encontrabamos mal ou que estabamos durmidas. Non obstante, pareceume que se ía recuperando aquela boa superiora, pois era imposible ser tan sensible e non ser boa. Seguía recostada na cadeira, cos ollos pechados, pero animáraselle o rostro coas cores máis belas; colleume unha man, que bicou, e díxenlle:

—Ah, querida madre, asustástesme moito.

Sorriu, suavemente, sen abrir os ollos.

—¿Acaso non sufristes?

—Non.

—Pensei que si.

—¡Inocente! ¡Pobre inocente! ¡Canto me gusta!

Dicindo isto, ergueuse, acomodouse na súa cadeira, colleume pola cintura e bicoume nas meixelas, con moita forza; despois díxome:

—¿Que idade tedes?

—Aínda non teño vinte anos.

—Non se entende.

—Querida madre, nada é máis certo.

—Quero sabelo todo da vosa vida; ¿contarédesma?

—Si, querida madre.

—¿Toda?

—Toda.

—Pode vir alguén. Poñámonos a tocar o clavecín. Darédesme clase.

Fomos, pero non sei qué me pasaba; tremíanme as mans e o papel só me amosaba un confuso montón de notas. Non fun quen de tocar. Díxenllo. Riu. Púxose no meu sitio pero aínda foi peor, ela apenas podía soster os brazos.

—Miña nena –díxome–, vexo que non estás en condicións de ensinarme nin eu de aprender. Estou un pouco cansa. Teño que descansar. Adeus. Mañá, o máis tardar, quero saber todo o que pasou na vosa alma. Adeus...

As outras veces, cando saía, acompañábame ata a porta; seguíame coa mirada por todo o corredor ata a miña; tirábame un bico coa man e non entraba na cela dela ata que eu entrase na miña; esta vez, apenas se levantou. Todo o que puido facer foi chegar ata o asento que estaba ao lado da cama; sentou, inclinou a cabeza sobre a almofada; tiroume o bico coa man; pecháronselle os ollos e marchei.

A miña cela estaba case en fronte da cela de Sainte-Thérèse. A porta desta relixiosa estaba aberta. Estaba esperándome. Paroume e díxome:

—Sainte-Suzanne, ¿vides de xunto da madre?

—Si –díxenlle.

—Estivestes alí moito tempo.

—Tanto como ela quixo.

—Iso non é o que me prometestes. ¿Ousariades dicirme qué estivestes a facer?

Aínda que a miña conciencia non me reprochaba nada, confesareivos, con todo, señor marqués, que a súa pregunta turboume. Decatouse, insistiu e respondinlle:

—Querida irmá, quizais a min non me creades, pero quizais creades á nosa querida madre e pregareille que vos informe.

—Miña querida Sainte-Suzanne –díxome con vivacidade–, gardádevos ben diso. Non queirades facerme desgrazada. Ela non mo perdoaría máis. Non a coñecedes. É capaz de pasar da maior sensibilidade á ferocidade. Non sei qué sería de min. Prometédeme que non lle diredes nada.

—¿Querédelo así?

—Pídovolo de xeonllos. Estou desesperada. Ben vexo que teño que resignarme. Prometédeme que non lle diredes nada...

Volvín levantala. Deille a miña palabra. Contaba con ela e tiña razón. Metémonos, ela na súa cela e eu na miña.

Unha vez que estiven na miña estancia, sentinme meditativa; quería rezar e non podía. Intentei ocuparme; comecei unha tarefa que abandonei por outra e que deixei por outra máis. As miñas mans paraban soas e estaba coma aparvada. Nunca experimentara nada igual. Os meus ollos pechábanse sos. Durmín un pouco aínda que nunca durmo de día. Cando espertei, pregunteime qué pasara entre a superiora e eu. Examineime. Crin entrever, examinándome de novo..., pero eran unhas ideas tan vagas, tan loucas, tan ridículas que as apartei lonxe de min. O resultado das miñas reflexións foi que quizais ela padecese unha enfermidade. Despois ocorréuseme que talvez esa enfermidade fose contaxiosa, que Sainte-Thérèse a collera e que eu tamén a collería.

Ao día seguinte, despois do oficio da mañá, a nosa superiora díxome:

—Sainte-Suzanne, é hoxe cando espero saber todo o que vos pasou; vide.

Fun. Fíxome sentar na súa cadeira de brazos ao lado do leito e sentou nunha cadeira un pouco máis baixa; eu sobresaía un pouco porque son máis grande e estaba máis alta. Estaba tan cerca de min que os meus xeonllos estaban entrelazados cos seus e estaba acobadada sobre a cama. Despois dun momentiño de silencio, díxenlle:

—Aínda que son moi nova, levo sufrido moito; dentro de pouco haberá vinte anos que estou no mundo e vinte anos que sufro. Non sei se vou poder contarvos todo nin se teredes o ánimo de oílo. Penas na casa dos meus pais, penas no convento de Longchamp, penas en todas partes. Querida madre, ¿por onde queredes que empece?

—Polas primeiras.

—Mais –díxenlle–, querida madre, será moi longo e triste, non querería entristecervos tanto tempo.

—Non temades nada. Gústame chorar. Chorar é delicioso para unha alma tenra. A ti tamén che debe gustar chorar. Ti secarás as miñas bágoas, eu secarei as túas e quizais nos sintamos felices no medio do relato dos teus sufrimentos; ¿quen sabe ata onde nos pode levar o entenrecemento?...

E pronunciando esas últimas palabras, miroume de abaixo arriba cos ollos xa húmidos, colleume as mans e achegóuseme aínda máis de maneira que eu tocáballe e ela me tocábame.

—Conta, miña nena, di; estou esperando. Sinto a máis aguillóante disposición para entenrecerme. Creo que non tiven na miña vida un día máis compasivo e afectuoso.

Comecei, entón, o meu relato, máis ou menos como volo acabo de escribir. Non podería expresarvos o efecto que causou nela, os suspiros que deu, as bágoas que verteu, os sinais de indignación que amosou contra os meus crueis pais, contra as horribles mozas de Sainte-Marie, contra as de Longchamp; causaríame moito pesar se lles sucedese a máis pequena parte dos males que ela lles desexou. Non quería provocarlle o menor mal ao meu máis cruel inimigo. De cando en cando, interrompíame, erguíase, paseaba e despois volvía sentar no seu sitio. Outras veces erguía as mans e os ollos cara ao ceo e escondía a cabeza entre os meus xeonllos. Cando lle falaba da miña escena do calabozo, da do exorcismo e da petición de perdón, case daba gritos. Cando cheguei ao final, calei e ela quedou durante algún tempo co corpo dobrado sobre a cama, a cara oculta na colcha e os brazos estendidos por riba da cabeza; e eu, eu dicíalle:

—Querida madre, pídovos perdón pola dor que vos causei, xa volo advertín, pero fostes vós quen o quixestes.

E ela só me respondeu con estas palabras:

—¡Mulleres ruíns! ¡Mulleres horribles! Só nos conventos pode extinguirse ata ese extremo a humanidade. Cando o odio se une ao mal humor habitual, xa non se sabe a onde van chegar as cousas. Afortunadamente eu son boa; amo a todas as miñas relixiosas. Colleron unhas máis, outras menos, algo do meu carácter e quérense entre elas. Pero esa feble saúde, ¿como puido resistir tantos tormentos? Como non romperon todos eses membros? ¿Como non foi destruída toda esta delicada máquina? ¿Como non se apagou coas lágrimas o brillo deses ollos? ¡Crueis! ¡Atar estes brazos con cordas...! –e collíame os brazos e bicábaos–. ¡Anegar de bágoas estes ollos...! —e bicábaos–. ¡Arrincar lamentos e xemidos desta boca...! –e bicábaa–. ¡Condenar este rostro bonito e sereno a cubrirse sen cesar de sombras de tristeza...¡ –e bicábao–. ¡Murchar as rosas destas meixelas...! –e tocáballes coas mans e bicábaas–. ¡Deslucir esta cabeza! ¡Arrincar este pelo! ¡Cargar esta fronte de preocupacións...! –e bicábame na cabeza, na fronte e no pelo–. ¡Atreverse a rodear este colo cunha corda e magoar estas costas con puntas aguzadas...! –e apartábame a roupa do colo e da cabeza, abría a parte de arriba do meu vestido, caíame o pelo esparexido sobre os ombros descubertos, quedábame o peito medio espido e os seus bicos expandíanse sobre o meu colo, os meus ombros descubertos e o meu peito medio nu. Deime de conta, entón, polo tremor que a dominou, pola turbación das súas palabras, polo extravío dos seus ollos e das súas mans, polo xeonllo que se apertaba entre os meus, polo ardor co que me collía e pola forza coa que os seus brazos me abrazaban, que a súa enfermidade non tardaría en apoderarse dela; non sei qué me pasaba pero sentía un espanto, un tremor e un desfalecemento que me verificaban a sospeita que tiña de que o seu mal era contaxioso.

Díxenlle:

—Querida madre, vede en qué desorde me puxestes; se vén alguén...

—Queda, queda –dime cunha voz oprimida–; non virá ninguén...

Non obstante, esforzábame por erguerme e apartarme dela, e dicíalle:

—Querida madre, tede coidado; o voso mal está a piques de apoderarse de vós. Permitide que me afaste.

Quería afastarme. Queríao, con seguridade, mais non podía. Non tiña ningunha forza; os meus xeonllos fraqueaban debaixo de min. Ela estaba sentada, eu, de pé; atraíame cara a ela; tiña medo de caer sobre ela e magoala. Sentei sobre o bordo da cama e díxenlle:

—Querida madre, non sei qué teño, encóntrome mal.

—E eu tamén –díxome ela–. Pero descansa un momento. Pasará. Non será nada...

Con efecto, a miña superiora recuperou a calma e eu tamén. Estabamos ambas as dúas abatidas; eu coa cabeza enriba da almofada; ela coa cabeza sobre o meu xeonllo e a fronte colocada nunha das miñas mans. Quedamos un pouco nese estado; non sei en qué estaba pensando ela; eu, non pensaba en nada. Non podía. Sentía unha debilidade que me dominaba completamente. Estabamos en silencio, cando a superiora o rompeu para dicirme:

—Suzanne, polo que me dixestes, pareceume que lle queriades moito á vosa primeira superiora.

—Moito.

—Ela non vos amaba máis ca min; en cambio, vós amabádela máis a ela. ¿Non me respondedes?

—Eu era desgrazada e ela suavizaba as miñas penas.

—Pero, ¿de onde vén a vosa repugnancia pola vida relixiosa? Suzanne, non me contastes todo.

—Perdoádeme, señora.

—¿Como?, non é posible, amable como sodes, pois, miña filla, sódelo moito, non sabedes canto, é imposible que ninguén volo dixese.

—Dixéronmo.

—¿E quen volo dixo non vos desgustaba?

—Non.

—¿Interesácheste por el?

—En absoluto.

—¿Como? ¿Nunca sentiu nada o voso corazón?

—Nada.

—¿Non é unha paixón secreta ou prohibida polos vosos pais o que vos provocou a aversión polo convento? Confiádemo. Son indulxente.

—Non teño, madre, nada que confiarvos sobre iso.

—Pero, de novo, ¿de onde vén a vosa repugnancia pola vida relixiosa?

—Da vida mesma. Odio os deberes, as ocupacións, o retiro e a obriga. Paréceme que estou chamada a outra cousa.

—Mais, ¿por que volo parece?

—Polo aburrimento que me abafa. Abúrrome.

—¿Aquí tamén?

—Si, querida madre, aquí tamén, a pesar de toda a bondade que tedes comigo.

—Pero, ¿acaso experimentades en vós mesma cambios, desexos?

—Ningún.

—Créoo, parecédesme dun carácter tranquilo.

—Bastante.

—Mesmo frío.

—Non sei.

—¿Non coñecedes o mundo?

—Coñézoo pouco.

—¿Que atractivo pode ter para vós, entón?

—Non o sei con claridade pero ten que ter algún.

—¿É a liberdade o que botades en falta?

—É iso e quizais moitas outras cousas.

—¿E esas outras cousas, cales son? Miña amiga, abrídeme o corazón; ¿gustaríavos casar?

–Preferiríao a estar como estou; é certo.

—¿Por que esa preferencia?

—Non o sei.

—¿Non o sabedes? Mais dime, ¿que impresión exerce sobre vós a presencia dun home?

—Ningunha..., se é enxeñoso e fala ben, escóitoo con pracer. Se ten boa presencia, nótoo.

—¿E o voso corazón está tranquilo?

—Ata o momento permaneceu sen emoción.

—¿Como? Cando vos dirixiron miradas animadas que se cruzaron coas vosas, non sentistes...?

—Algunhas veces, certa incomodidade. Facíanme baixar a mirada.

—¿Sen ningunha turbación?

—Ningunha.

—E os vosos sentidos, ¿non vos dicían nada?

—Non sei que é iso da lingua dos sentidos.

—Pois teñen unha.

—Pode ser.

—¿E vós non a coñecedes?

—En absoluto.

—¿Como? Vós... É unha lingua moi doce. ¿E gustaríavos coñecela?

—Non, querida madre; ¿para que me serviría?

—Para disipar o voso aburrimento.

—Para aumentalo, talvez. ¿E, á parte, que significa esa lingua dos sentidos sen obxecto?

—Cando se fala, sempre é para alguén..., é mellor, sen dúbida, que falar soa, aínda que isto tamén provoque certo pracer.

—Non entendo nada.

—Se quixeses, querida nena, falaríache máis claro.

—Non, querida madre, non. Non sei nada e prefiro non saber nada a adquirir coñecementos que me volverían máis digna de mágoa do que o son. Non teño desexos nin quero buscalos se non podo satisfacelos.

—¿E por que non ías poder?

—¿E como ía poder?

—Coma min.

—¡Coma vós! Non hai ninguén neste convento.

—Estou eu, querida amiga, estades vós.

—Ben, ¿que son eu para vós e vós para min?

—¡Que inocente é!

—Oh, é certo, querida madre, que o son moito e preferiría morrer a deixar de selo.

Non sei qué de molesto podían ter estas miñas última palabras para ela pero fixéronlle cambiar de aspecto de súpeto; púxose seria, incómoda; a man que puxera enriba dun dos meus xeonllos, deixou de apertalo e despois retirouse; tiña a mirada baixa.

Pregunteille:

—Miña querida madre, ¿que pasou?, ¿é que dixen algo que vos ofendeu? Perdoádeme. Uso a liberdade que me concedestes. Non penso o que vos teño que dicir; e, aínda que o pensase, non diría outra cousa, quizais peor.¿As cousas das que falamos resúltanme tan estrañas! Perdoádeme...

Dicindo estas últimas palabras, boteille os brazos ao redor do pescozo e pousei a miña cabeza no seu ombro. Rodeoume cos seus brazos e apertoume tenramente. Estivemos así algúns instantes. A continuación, recuperando a tenrura e a serenidade, díxome:

—Suzanne, ¿durmides ben?

—Moi ben –-díxenlle–, sobre todo desde hai algún tempo.

—¿Adormecedes enseguida?

—Normalmente si.

—Pero cando non adormecedes enseguida, ¿en que pensades?

—Na miña vida pasada; na que me espera. Prégolle a Deus ou choro. ¿Que sei eu?

—E pola mañá, ¿cando espertades cedo?

—Érgome.

—¿Enseguida?

—Enseguida.

—¿Non vos gusta pensar?

—Non.

—¿Nin repousar sobre a almofada?

—Non.

—¿Nin gozar da doce calor da cama?

—Non.

—¿Nunca...?

Parou nesta palabra, e con razón. O que me tiña que preguntar non estaba ben e talvez eu faga moito peor dicíndoo pero decidín non ocultar nada.

—¿Nunca sentistes a tentación de mirar con compracencia o bela que sodes?

—Non, querida madre. Non sei se son tan bela como vós dicides e, aínda que o sexa, ése bela para os outros, non para un mesmo.

—¿Nunca pensastes en pasear as vosas mans sobre a gorxa, as coxas, o ventre, sobre esas carnes tan firmes, tan doces e tan brancas?

—¡Oh!, non, iso non, é pecado; e, se me sucedese, non sei como había facer para confesalo...

Non sei que máis falamos aínda, cando a viñeron avisar de que a esperaban na sala de visitas. Pareceume que aquela visita lle causaba fastío e que preferiría continuar a falar comigo, aínda que o que diciamos non valía a pena botalo de menos. Non obstante, separámonos.

A comunidade nunca fora tan feliz coma desde que eu chegara. A superiora parecía que perdera a inestabilidade do seu carácter. Dicían que eu a equilibrara. Incluso concedeu, na miña honra, algúns días de recreo e do que chaman de festa. Eses días, comíase un pouco mellor que de ordinario, os oficios eran máis curtos e todo o tempo que os separa concedíase á diversión. Mais ese tempo feliz tiña que acabar para as outras e para min.

A escena que vos acabo de describir, foi seguida dun gran número doutras parecidas que non describo. Velaquí a seguinte:

A inquietude comezou a apoderarse da superiora; perdeu a alegría, a gordura e o sono. Á noite seguinte, cando todo o mundo durmía e o convento estaba en silencio, ergueuse; despois de deambular algún tempo polos corredores, veu á miña cela; teño o sono lixeiro e crin recoñecela. Detívose, apoiando a fronte contra a miña porta e fixo suficiente ruído para espertarme, se estivese durmida. Permanecín en silencio. Pareceume oír unha voz que se queixaba, alguén que suspiraba; ao principio sentín un lixeiro calafrío, despois decidinme a dicir Ave. Aquela persoa, en lugar de me responder, afastouse rapidamente. Volveu vir pouco tempo despois. As queixas e os suspiros volveron comezar. Volvín dicir Ave e volveuse afastar por segunda vez. Tranquiliceime. Adormecín. Mentres durmía, alguén entrou e sentou ao lado da miña cama; as miñas cortinas estaban entreabertas, tiña unha pequena candea con luz que me iluminaba o rostro e quen a sostiña observábame mentres durmía. Isto foi, polo menos, o que pensei pola súa actitude, cando abrín os ollos e vin que esta persoa era a superiora. Erguinme repentinamente; decatouse do meu espanto e díxome:

—Suzanne, tranquilizádevos, son eu.

Volvín recostar a cabeza na almofada e díxenlle:

—Querida madre, ¿que facedes aquí a estas horas? ¿A que vides? ¿Por que non estades durmindo?

—Non podo durmir –respondeume–. Non durmirei durante moito tempo. Atorméntanme molestos soños. Tan pronto pecho os ollos, as desgracias que sufristes volven debuxarse na miña imaxinación. Véxovos nas mans desas inhumanas; véxovos co pelo esparexido sobre a cara, cos pés ensanguentados, co facho na man e coa corda ao pescozo. Creo que van dispor da vosa vida. Teño calafríos, tremo, unha suor fría expándeseme por todo o corpo; quero ir no voso auxilio, grito; esperto e espero, inutilmente, que o sono me volva vir. Isto é o que me pasou esta noite. Tiven medo de que o ceo me estivese anunciando algún mal que lle sucedese á miña amiga. Erguinme. Achegueime á vosa porta. Escoitei. Pareceume que non durmiades e como falastes retireime. Volvín vir, volvestes falar e volvinme afastar. Volvín unha terceira vez, e cando crin que durmiades, entrei. Hai xa algún tempo que estou á vosa beira e que temo espertarvos. Ao principio, vacilei se apartar as cortinas. Quería marchar por medo de turbar o voso descanso, pero non puiden resistir o desexo de ver se a miña querida Suzanne se encontraba ben. Estiven observándovos. ¡Que bela sodes para contemplar, mesmo cando durmides!

—Miña querida madre, ¡que boa sodes!

—Collín frío; pero sei que non teño nada malo que temer pola miña filla e creo que durmirei. Dádeme a man...

Deilla.

—¡Que tranquilo ten o pulso! ¡Que regular! Nada o impresiona.

—Teño o sono bastante apracible.

—¡Que afortunada sodes!

—Querida madre, ides arrefriar.

—Tedes razón. Adeus, bela amiga; adeus, marcho.

Non obstante, non marchaba. Continuaba a mirarme. Fluíronlle dúas bágoas dos ollos.

—Querida madre, díxenlle, ¿que tedes?, estades chorando. ¡Canto lamento tervos falado das miñas desgracias...!

Ao instante, pechou a porta, apagou a candea e precipitouse enriba miña. Tíñame abrazada; estaba deitada sobre a colcha ao meu lado; tiña a cara pegada á miña, as súas bágoas mollábanme as meixelas, suspiraba e dicíame cunha voz queixosa e entrecortada:

—¡Querida amiga, tede piedade de min!

—Querida madre –díxenlle–, ¿que vos pasa? ¿Encontrádesvos mal? ¿Que cómpre que faga?

—Estou tremendo –díxome–, teño calafríos; un frío mortal apoderouse de min.

—¿Queredes que me erga e que vos ceda a miña cama?

—Non –díxome–, non é necesario que vos levantedes; simplemente apartade un pouco a colcha, para que me achegue a vós, que me quente e me recupere.

—Querida madre –díxenlle–, iso está prohibido. ¿Que dirán se o saben? Vin castigar relixiosas por cousas moito menos graves. No convento de Sainte-Marie unha relixiosa foi pola noite á cela doutra porque era amiga súa; non podedes imaxinarvos todo o mal que se pensou diso. O director espiritual preguntoume algunha vez se ninguén me propuxera durmir ao meu carón e recomendoume seriamente non consentilo. Mesmo lle falei das caricias que me facedes; eu encóntroas moi inocentes, pero el, el non pensa así; non sei como esquecín os seus consellos, propuxérame falarvos disto.

—Querida amiga –díxome–, todo está tranquilo ao noso redor, ninguén saberá nada. Son eu quen recompenso ou quen castigo e, a pesar do que diga o director espiritual, non vexo que mal hai en que unha amiga reciba ao seu lado a outra amiga dominada pola inquietude, que espertou e que veu, pola noite e a pesar do rigor da estación, ver se a súa ben amada corría algún perigo. Suzanne, ¿nunca compartistes a mesma cama na casa dos vosos pais cunha das vosas irmás?

—Non, nunca.

—Sendo que se tivese presentado a ocasión, ¿non o fariades sen escrúpulo? Se a vosa irmá, alarmada e aterecida de frío, viñese pedirvos un sitio ao voso lado, ¿negariádesllo?

—Creo que non.

—¿E eu non son a vosa querida madre?

—Si, sódelo, pero está prohibido.

—Querida amiga, son eu quen lles prohibe ás outras e quen volo permite e quen volo pide. Quéntome un momento e marcho. Dádeme a man –deilla–. Tede –díxome–, apalpade, vede, tremo, teño calafríos, estou coma o mármore –e era certo.

—¡Oh! querida madre –díxenlle–, ides enfermar. Pero esperade, vou apartarme ata o bordo e meterédesvos no sitio quente.

Coloqueime de lado; erguín a roupa, e ela púxose no meu sitio. ¡Ai, que mal estaba! Tremía toda. Quería falarme, achegarse a min. Non era capaz de articular, non era capaz de se mover. Dicíame en voz baixa:

—Suzanne, miña amiga, achegádevos un pouco.

Ela estendía o brazo; eu dáballe as costas; colleume suavemente; atraeume cara a ela; pasou o seu brazo dereito por baixo do meu corpo e o outro por riba e díxome:

—Estou xeada, teño tanto frío que teño medo de tocarvos e facervos mal.

—Querida madre, non temades nada.

Ao momento, puxo unha man no meu peito e coa outra rodeoume pola cintura. Tiña os pés so os meus e eu apertáballos para quentarllos e a querida madre dicíame:

—¡Ah!, querida amiga, vede como me queceron enseguida os pés porque non hai nada que os separe dos vosos.

—Pero –díxenlle–, ¿que impide que vos quentedes por todo o corpo do mesmo xeito?

—Nada, se vós o queredes.

Eu dera a volta, ela apartara a roupa e eu ía apartar a miña, cando, de repente, deron dous golpes fortes na porta. Espantada, saín dun salto da cama, eu dun lado e a superiora do outro. Escoitamos e oímos alguén que chegaba, na punta dos pés, á cela veciña.

—¡Ai! –díxenlle–, é a miña irmá Sainte-Thérèse. Veríavos pasar polo corredor e entrar onda min; debeunos de escoitar, sorprendería a nosa conversa. ¿Que vai dicir?...

Eu estaba máis morta ca viva.

—Si, é ela –dime a superiora cun ton irritado–. É ela, non o dubido pero vaise acordar por moito tempo da súa temeridade.

—¡Ai!, querida madre –díxenlle–, non lle fagades mal.

—Suzanne –díxome–, adeus, boas noites. Volvede deitarvos. Durmide ben. Dispénsovos da oración. Vou cabo desa atordada. Dádeme a man...

Tendinlla dun lado da cama ao outro; ergueu a manga que me cubría o brazo; bicouno todo, suspirando, desde a extremidade dos dedos ata o ombreiro e saíu, dicindo que a temeraria que ousara amolala ía acordarse. Ao instante, avancei rapidamente ata o outro lado da cama, cara á porta, e escoitei. Ela entrou na cela da irmá Thérèse. Tiven a tentación de erguerme e de irme interpoñer entre sor Sainte-Thérèse e a superiora, se a escena se volvía violenta pero sentíame tan turbada e tan incómoda que preferín ficar no leito, aínda que non durmín. Pensei que me ía converter no obxecto de comentario do convento; que aquela aventura, que en si era moi simple, sería contada coas circunstancias máis desfavorables; que sería peor aquí aínda que en Longchamp, onde fun acusada de non sei que; que a nosa falta chegaría ao coñecemento dos superiores; que a madre sería déspota e que seriamos ambas as dúas severamente castigadas. Entrementres, estaba ao axexo, esperaba con impaciencia que a nosa madre saíse de onda a irmá Thérèse. Aparentemente, aquel asunto foi difícil de solucionar, pois pasou alí case toda a noite. ¡Como a compadecía eu! Estaba en camisón, núa e aterecida de cólera e de frío.

Pola mañá, tiña gana de gozar do permiso que a superiora me dera e permanecer na cama; non obstante, pensei que non debía facelo. Vestinme moi rápido e cheguei de primeira ao coro, onde non apareceron nin a superiora nin Sainte-Thérèse, o que me prougo moito; primeiro, porque me custaría soster a presenza daquela irmá sen incomodidade; segundo, porque, dado que lle permitía ausentarse do oficio, polo que parecía, conseguira un perdón que non lle concedería sen unhas condicións que debían tranquilizarme. Adiviñara. Apenas acabou o oficio, a superiora mandoume buscar. Fun vela. Aínda estaba na cama. Tiña o aspecto abatido. Díxome:

—Sufrín. Non durmín nada. Sainte-Thérèse está tola. Se volve ocorrer o mesmo outra vez, pechareina.

—¡Ai!, querida madre –díxenlle–, non a pechedes nunca.

—Iso dependerá da súa conduta; prometeume que vai mellorar, e conto con iso. ¿E vós, querida Suzanne, como vos encontrades?

-—Ben, querida madre.

—¿Descansastes un pouco?

—Moi pouco.

—Dixéronme que estivestes no coro; ¿por que non ficastes no leito?

—Estaría mal e, á parte, pensei que valía máis...

—Non, non había inconveniente. Pero necesito descansar. Aconséllovos ir facer outro tanto á vosa cela, a menos que prefirades aceptar un sitio ao meu lado...

—Querida madre, agradézovolo infinitamente; pero estou acostumada a durmir soa e non podería durmir con outra persoa.

—Ide entón. Non baixarei ao refectorio para comer. Serviranme aquí. Quizais non me erga en todo o día. Viredes con algunhas outras que mandei avisar.

—¿E Sainte-Thérèse estará? –pregunteille.

—Non –respondeume.

—Prefiro que non estea.

-—¿E por que?

—Non sei; paréceme que temo encontrala.

—Tranquilizádevos, miña filla. Garántoche que ela ten máis medo de ti có que debes ter ti dela.

Deixeina. Fun descansar. Pola tarde, dirixinme á estancia da superiora, onde encontrei unha asemblea bastante numerosa das relixiosas máis novas e máis guapas do convento; as outras visitárana e retiráranse. Asegúrovos, señor marqués, a vós, que tedes coñecementos de pintura, que aquel era un cadro moi agradable para ver. Imaxinade un taller de dez ou doce persoas, das que a máis nova podía ter quince anos e a máis vella non chegaba aos vinte e tres, unha superiora que estaba rozando os corenta, branca, fresca, chea de gordura, medio incorporada na cama, cunha papada que levaba con bastante gracia, os brazos redondos coma se fosen torneados, dedos en forma de fuso e sementados de fochiñas, os ollos negros e grandes, vivos e tenros, case nunca abertos de todo, medio pechados coma se quen os posuía experimentase certa fatiga ao abrilos; os labios vermellos coma unha rosa, dentes brancos coma o leite, as máis belas meixelas, unha cabeza moi agradable afundida nunha almofada ancha e branda; os brazos estendidos indolentemente aos lados, con pequenos coxíns baixo os cóbados para sostelos. Eu estaba sentada no bordo da cama e non facía nada; outra, nunha cadeira de brazos, cun pequeno bastidor enriba dos xeonllos; outras, viradas cara ás fiestras, facían encaixe; algunhas, sentadas no chan sobre coxíns que lles quitaran ás cadeiras, cosían, bordaban, desfiaban ou fiaban nun pequeno torno. Unhas eran louras, outras morenas, ningunha se parecía aínda que todas fosen guapas; os seus caracteres eran tan variados coma as súas fisionomías; estas eran serenas, aquelas alegres, outras serias, melancólicas ou tristes. Todas traballaban, excepto eu, como xa vos dixen. Non era difícil distinguir as que eran amigas das indiferentes e das inimigas. As amigas estaban unha ao lado da outra ou en fronte e, mentres facían o seu labor, charlaban; aconsellábanse, mirábanse furtivamente, apertábanse os dedos baixo o pretexto de pasarse un alfinete, unha agulla, unhas tesoiras. A superiora percorríaas coa mirada; reprocháballe a unha a aplicación, a outra a ociosidade, a esta a indiferencia, a aquela a tristeza. Facía que lle levasen o labor; loábao ou censurábao; recomendáballe a unha que axustase o veo. «Ese veo está moi cara a adiante... Ese lenzo tápavos demasiado o rostro, non se vos ven o suficiente as meixelas... Eses pregos séntanvos mal...» Dirixíalle a cada unha suaves reproches ou suaves aloumiños.

Mentres estabamos ocupadas, oín chamar á porta. Fun. Díxome a superiora:

—Sainte-Suzanne, ¿volveredes?

—Si, querida madre.

—Non me falledes, pois teño algo importante que comunicarvos.

—Volverei...

Era a pobre Sainte-Thérèse. Permaneceu un intre sen falar e eu tamén. Despois díxenlle:

—Querida irmá, ¿buscádesme a min?

—Si.

—¿En que vos podo axudar?

—Vóuvolo dicir. Caín en desgraza coa nosa querida madre. Cría que me perdoara e tiña algunha razón para pensalo, pero estades todas reunidas con ela e eu teño orde de permanecer na cela.

—¿Queredes entrar?

—Si.

—¿Gustaríavos que lle pedise permiso?

—Si.

—Esperade, querida amiga, que vou.

—¿De verdade que llo pediredes por min?

—Sen dúbida, ¿por que non volo ía prometer? ¿E por que non o ía facer despois de prometérvolo?

—¡Ai! –díxome, mirándome con tenrura–, perdóolle, perdóolle a predilección que sente por vós. Vós posuídes todos os encantos, a alma máis boa e o corpo mellor feito...

Eu estaba encantada de que me pedise aquel favor. Volvín entrar. Outra collera, na miña ausencia, o meu sitio á beira da cama da superiora, estaba inclinada cara a ela, co cóbado apoiado entre os seus dous coxíns e amosáballe o labor. A superiora, cos ollos pechados, dicíalle si e non, case sen mirala, e eu estaba de pé ao lado dela sen que se decatase. Non obstante, non tardou en recuperarse da súa lixeira distracción. A que se apoderara do meu sitio devolveumo. Volvín sentar. A continuación, inclinándome suavemente cara á superiora, que se incorporara un pouco sobre as almofadas, calei pero mireina coma se tivese algo que pedirlle.

—Ben –díxome–, ¿que pasa?, falade. ¿Que queredes? ¿Acaso podo negarvos algo?

—Sor Sainte-Thérèse...

—Entendo. Estou desgustada con ela pero, xa que Sainte-Suzanne intercede, perdóolle. Ide dicirlle que pode entrar...

Corrín. A pobre irmá esperaba á porta. Díxenlle que viñese. Fíxoo pero tremendo; tiña a mirada baixa; levaba un longo anaco de muselina atada sobre un patrón que lle escapou das mans ao dar o primeiro paso. Recollino. Collina por un brazo e conducina a xunto da superiora. Púxose de xeonllos; colleulle unha man e bicoulla exhalando algúns suspiros e chorando. Despois, agarrou unha das miñas que uniu á da superiora e bicounos a ambas. A superiora fíxolle un aceno para que se erguese e se colocase onde quixese. Obedeceu. Serviron unha colación. A superiora ergueuse. Non se sentou con nós pero paseaba ao redor da mesa, pousando a man sobre a cabeza dunha, tirando dela suavemente cara atrás e bicándoa na fronte; erguéndolle a roupa da gorxa a outra para colocar unha man debaixo e permanecendo apoiada sobre o respaldo da súa cadeira de brazos; pasaba a unha terceira deixando caer sobre ela unha man ou colocándolla sobre a boca, saboreando co extremo dos beizos as cousas que serviran e distribuíndollelas a esta e a aquela. Despois de ter circulado así un momento, parou en fronte miña mirándome cunha mirada moi afectuosa e moi tenra; mentres, as outras baixárana coma se tivesen medo de contrariala ou distraela, pero sobre todo a irmá Sainte-Thérèse. Acabada a colación, púxenme a tocar o clavecín e acompañei a dúas irmás que cantaron sen método, con gusto, precisión e voz. Cantei tamén e acompañeime; a superiora estaba sentada ao pé do clavecín e parecía experimentar o pracer máis grande ao escoitarme e verme; as outras escoitaban de pé sen facer nada ou volveran ao seu labor. Esa tarde foi deliciosa.

Feito isto, retiráronse todas. Eu ía marchar coas outras, cando me detén a superiora:

—¿Que hora é? –preguntoume.

—Van ser as seis.

—Van vir algunhas das nosas conselleiras. Reflexionei sobre o que me dixestes da vosa saída de Longchamp. Comuniqueilles as miñas ideas, aprobáronas e temos unha proposición para facerche. É imposible que non teñamos éxito; e se o temos, obteremos un ben para o convento e certa dozura para vós.

Ás seis, entraron as conselleiras. As conselleiras dos conventos son sempre decrépitas e vellas. Erguinme. Sentaron elas, e a superiora díxome:

—Irmá Sainte-Suzanne, ¿non me dixestes que lle debiades á beneficencia do señor Manouri o dote que vos fixeron aquí?

—Si, querida madre.

—Non me equivoquei, entón. ¿E as irmás de Longchamp quedaron en posesión do dote que lles pagastes ao entrar no seu convento?

—Si, querida madre.

—¿Non vos devolveron nada?

—Non, querida madre.

—¿Non vos dan unha pensión?

—Non, querida madre.

—Non é xusto. Foi o que lles comuniquei ás nosas conselleiras e pensan, coma min, que tedes dereito a poñer unha demanda contra elas para que o voso dote sexa restituído en proveito do noso convento ou que vos dean unha renda por el. Non ten nada que ver o interese que o señor Manouri tivo pola vosa sorte co que as irmás de Longchamp vos deben. Non foi co recibido delas co que el vos proporcionou o dote.

—Non o creo; pero para asegurarse o máis rápido é escribirlle.

—Sen dúbida, pero, en caso de que a resposta del sexa tal como nós a desexamos, velaquí as proposicións que vos temos que facer: Nós empezaremos o proceso en nome voso contra o convento de Longchamp. O noso custeará os gastos, que non serán moitos, xa que é case seguro que o señor Manouri non rexeitará encargarse deste asunto e, se gañamos, o convento compartirá con vós, metade por metade, o fondo ou a renda. ¿Que opinades, querida irmá?, non respondedes, estades pensando.

—Estou pensando que as irmás de Longchamp me fixeron moito dano e que me desesperaría se imaxinasen que me quero vingar.

—Non se trata de vingarvos; trátase de reclamar o que se vos debe.

—Converterme nun novo espectáculo...

—Ese é o menor dos inconvenientes. Vós case non teredes que facer nada. E ademais, a nosa comunidade é pobre e a de Longchamp rica. Seredes a nosa benfeitora, polo menos mentres vivades. Non necesitamos ese motivo para interesarnos pola vosa conservación, todas vos queremos...

E todas as conselleiras dixeron á vez:

—¿Quen non a amaría? É perfecta.

—Eu podo morrer dun momento a outro. Outra superiora talvez non teña por vós os mesmos sentimentos ca min. Non, seguramente non os teña. Podedes sufrir pequenas indisposicións, pequenas necesidades; é moi agradable posuír un pouquiño de diñeiro do que dispoñer para se aliviar unha mesma ou para compracer a outras.

—Queridas madres –díxenlles–, esas consideracións non son de desprezar xa que tedes a bondade de levalas a cabo; hai outras que me afectan máis pero non hai repugnancia que eu non estea pronta a sacrificarvos. O único favor que teño que pedirvos, querida madre, é o de non empezar nada sen antes falar diante miña co señor Manouri.

—Nada hai máis fácil. ¿Queredes escribirlle vós mesma?

—Como vos praza, querida madre.

—Escribídelle e, para non volver outra vez sobre isto, pois a min non me gustan este tipo de asuntos, abúrrenme moitísimo, escribídelle xa...

Déronme unha pluma, tinta e papel; e, inmediatamente, pedinlle ao señor Manouri que viñese a Arpajon tan pronto como as súas ocupacións llo permitisen, que necesitaba a súa axuda e o seu consello nun asunto de certa importancia, etc. O concilio reunido leu a carta, aprobouna e foi enviada.

O señor Manouri veu algúns días despois. A superiora explicoulle de que se trataba. Non dubidou un momento en ser do parecer dela. Trataron os meus escrúpulos de ridículos; concluíron que as relixiosas de Longchamp serían requiridas ao día seguinte. Fórono; e velaí que, a pesar meu, o meu nome volveu aparecer nas memorias, nos alegacións, na audiencia, e con detalles, suposicións, mentiras e todas as perfidias que poden converter unha criatura en desprezable ante os xuíces e odiosa aos ollos do público. Pero, señor marqués, ¿é que se lles permite aos avogados calumniar tanto como lles apeteza? ¿É que non hai xustiza contra eles? Se puidese prever todas as amarguras que este asunto me comportaría, asegúrovos que nunca consentiría que empezase. Tiveron a atención de enviarlles a varias das relixiosas do noso convento os cargos que foran presentados contra min. A todo momento, viñan preguntarme os detalles dos sucesos horribles que non tiñan nin sombra de verdade. Canta máis ignorancia mostraba, máis culpable se me cría; como non explicaba nada, non confesaba nada e negaba todo, crían que todo era verdade; sorrían, dicíanme cousas confusas pero moi ofensivas e encollíanse de ombros ante a miña inocencia. Eu choraba. Estaba desolada.

Ora, unha pena nunca vén soa. Chegou o tempo de ir confesar. Eu xa me acusara das primeiras caricias que a miña superiora me fixera. O director prohibírame, moi claramente, prestarme outra vez a elas pero, ¿u-lo xeito de rexeitar cousas que lle causan un gran pracer a outra persoa de quen se depende totalmente e nas que non se ve, en si mesmas, ningún mal?

Como este director espiritual vai xogar un importante papel no resto das miñas memorias, creo que é pertinente que o coñezades.

É un franciscano chamado padre Lemoine; non ten máis de corenta e cinco anos. Ten unha das fisionomías máis belas que se poden encontrar: doce, serena, aberta, risoña e agradable cando non pensa. Cando pensa, engúrraselle a fronte, baixa a mirada, e o seu porte vólvese severo. Non coñezo dous homes máis diferentes có padre Lemoine no altar e o padre Lemoine no locutorio, só ou acompañado. Polo resto, todas as persoas relixiosas son así, e eu mesma téñome sorprendido con frecuencia a punto de ir á reixa, detida de súpeto, reacomodado o veo, o diadema, compondo o aspecto, os ollos, a boca, as mans, os brazos, a compostura, o xeito de andar, e creando unha aparencia e unha modestia finxida que duraban máis ou menos, segundo as persoas coas que tiña que falar. O padre Lemoine é alto, ben feito, alegre, moi amable cando se despista; fala de marabilla; ten, no seu convento, a reputación de gran teólogo e no mundo, a de gran predicador; é un home moi instruído nunha infinidade de coñecementos estraños ao seu estado. Ten unha voz moi bonita. Sabe música, historia e linguas; é doutor de Sorbonne. Aínda que sexa novo, pasou polas dignidades principais da súa orde. Creo que non ten intrigas nin ambición; é amado polos seus confrades. Solicitáralle á superioridade do convento de Étampes un posto tranquilo no que poder dedicarse sen distracción a algúns estudos que comezara e concedéranllo. A elección dun confesor é unha gran decisión para un convento: cómpre estar dirixido por un home importante e notable. Fíxose todo o posible para ter o padre Lemoine e conseguiuse, polo menos como extraordinario.

Enviábanlle o coche a véspera dos días santos e viña. Había que ver o movemento que a súa espera provocaba en toda a comunidade; que feliz se poñía; como se pechaba; como traballaba no exame; como intentaba enredalo o máximo de tempo posible.

Era a véspera de Pentecoste. Esperabámolo. Eu estaba inquieta. A superiora deuse conta e falou comigo. Non lle ocultei a razón da miña preocupación. Pareceume que se alarmaba máis ca min aínda a pesar de que facía todo por ocultarmo. Tratou o padre Lemoine de home ridículo; burlouse dos meus escrúpulos; preguntoume se o padre Lemoine sabía máis sobre a inocencia dos sentimentos dela e meus cá nosa conciencia e se a miña me reprochaba algo. Respondinlle que non.

—Ben –díxome–, son a vosa superiora, debédesme obediencia; ordénovos que non lle faledes desas parvadas. É inútil que vaiades confesar se só tedes bagatelas que confesar.

Chegou o padre Lemoine, e dispoñíame para a confesión mentres as que tiñan máis présa xa se adiantaran. Estaba chegando a miña vez cando veu a superiora onda min, levoume á parte e díxome:

—Sainte-Suzanne, estiven pensando no que me dixestes. Volvede á vosa cela. Non quero que vaiades confesar hoxe.

—¿Por que –respondinlle–, querida madre? Mañá é día festivo; é día de comuñón xeral; ¿que queredes que pensen de min se son a única que non me achego ao altar?

—Non importa; que pensen o que queiran, pero non iredes confesar.

—Querida madre –díxenlle–, se é certo que me amades, non me busquedes esta mortificación, pídovolo por favor.

—Non, non, non pode ser. Ídesme provocar calquera desatino con ese home, e non quero telo.

—Non, querida madre; non volo provocarei.

—Prometédeme entón... É inútil. Viredes mañá pola maná ao meu cuarto. Confesarédesvos comigo. Non cometestes ningunha falta da que eu non poida reconciliarvos e absolvervos e comungaredes coas outras. Ide...

Retireime entón, e estaba na miña cela, triste, inquieta, pensativa, non sabendo qué decisión tomar (se ir ver ao padre Lemoine, a pesar da superiora, se limitarme á súa absolución ao día seguinte e cumprir coas miñas devocións co resto do convento ou se apartarme dos sacramentos, a pesar do que puidesen dicir) cando ela entrou. Confesárase co padre Lemoine e o padre Lemoine preguntáralle por qué non me vira, se estaba enferma; non sei que lle respondera ela pero o resultado foi que el me estaba esperando no confesionario.

—Ide entón –díxome–, xa que ten que ser; pero asegurádeme que calaredes. Eu dubidaba; ela insistía:

—Louca –díxome–, ¿que mal queres que haxa en calar o que non houbo mal en facer?

—¿E que mal hai en dicilo? –respondinlle.

—Ningún, pero hai un inconveniente. ¿Quen sabe a importancia que lle pode dar ese home? Asegurádemo.

Eu vacilei de novo; pero á fin comprometinme a non dicir nada se el non me preguntaba, e marchei.

Confeseime. Calei, pero o director interrogoume e eu non lle ocultei nada; fíxome mil preguntas singulares, das que non entendo nada aínda hoxe que as recordo. Tratoume con indulxencia, pero expresouse sobre a superiora nuns termos que me fixeron estremecer: chamoulle indigna, libertina, mala relixiosa, muller perniciosa, alma corrupta e exhortoume, baixo pena de pecado mortal, a non volver estar a soas con ela e a non consentir ningunha das súas caricias.

—Pero, padre –díxenlle–, é a miña superiora; pode entrar na miña cela ou chamarme á súa cando queira.

—Seino, seino, e estou desolado. Querida filla –díxome–, ¡loado sexa Deus que vos preservou ata o momento! Sen ousar explicarme con vós con máis claridade, polo temor de converterme eu mesmo no cómplice da vosa indigna superiora e de murchar, polo alento envelenado que sairá, contra a miña vontade, dos meus beizos, unha flor delicada que só se garda fresca e sen mancha ata a idade que tedes pola protección especial da Providencia, ordénovos escapar da vosa superiora, rexeitar os seus aloumiños, non entrar nunca soa na súa cela, pecharlle a vosa porta, sobre todo de noite, saír da cama se ela se pon ao voso lado aínda que non queirades, ir ao corredor, dar voces se fai falta, baixar espida ata o pé dos altares, encher o convento con berros e facer todo o que o amor de Deus, o temor do crime, a santidade do voso estado e o interese da vosa salvación vos inspirasen se Satán, en persoa, se presentase perante vós e vos perseguise. Si, miña filla, Satán. Véxome obrigado a amosarvos a vosa superiora so este aspecto. Ela afundiuse no abismo do crime; busca afundirvos a vós nel e estariades xa con ela se a vosa inocencia mesma non a enchese de terror e non a detivese.

Despois, dirixindo a mirada ao ceo, exclamou:

¡Meu Deus!, seguide protexendo esta rapaza... Dicide comigo: Satana, vade retro, apage, Satana. Se esa desgrazada vos interroga contádello todo. Repetídelle as miñas palabras. Dicídelle que mellor sería que non nacese ou que se precipitase soa aos infernos por unha morte violenta.

—Pero, padre –repliqueille–, escoitástela hai un pouco.

Non me respondeu nada; pero, exhalando un fondo suspiro, levou os brazos contra unha das paredes do confesionario e apoiou a cabeza enriba coma un home transido de dor. Permaneceu neste estado algún tempo. Eu non sabía qué pensar. Tremíanme os xeonllos. Sentía unha turbación, unha desorde que non se concibe; tal coma un viaxante que camiñase polas tebras entre precipicios que non ve e que é golpeado desde todos os lados por voces subterráneas que lle gritan: «¡Estás perdido!» Mirándome a continuación cun aire tranquilo pero tenro, díxome:

—¿Tedes boa saúde?

—Si, padre.

—¿Non vos incomodaría moito pasar unha noite sen durmir?

—Non, padre.

—Ben, pois esta noite non vos deitaredes. Inmediatamente despois da colación iredes á igrexa. Prosternarédesvos ao pé dos altares e pasaredes alí a noite rezando. Non sabedes o perigo que correstes. Agradecerédeslle a Deus que vos preservase, e mañá iredes comungar co resto das relixiosas. Só vos poño como penitencia que manteñades lonxe de vós a vosa superiora e que rexeitedes os seus envelenados aloumiños. Ide. Pola miña parte vou unir as miñas oracións ás vosas. ¡Cantas inquedanzas me ides causar! Son consciente de todas as consecuencias do consello que vos dou, pero débovolo e débomo a min mesmo. Deus é o amo, e só temos unha lei.

Non me acordo, señor, máis ca dun xeito imperfecto de todo o que me dixo. Agora que comparo o seu discurso, tal como volo acabo de relatar, coa terrible impresión que me provocou, non lle encontro parecido, pero isto débese a que está roto, fragmentado, fáltanlle moitos matices, que non retiven, porque non os vinculei a ningunha idea precisa e non vía, nin vexo aínda, nada importante nos detalles sobre os que el se expresaba con máis enerxía. Por exemplo, ¿que encontraba de tan estraño na escena do clavecín? ¿Non hai persoas sobre as que a música causa unha forte impresión? A min mesma dixéronme que certos aires, certas modulacións cambiaban completamente a miña fisionomía. Neses momentos, estaba completamente fóra de min, case non era consciente. Non creo que por iso fose menos inocente. ¿Por que non ía pasar o mesmo no caso da miña superiora, que era, seguramente, a pesar das súas loucuras e inestabilidades, unha das mulleres máis sensibles que houbo no mundo? Non era quen de escoitar un relato un pouco conmovedor sen chorar. Cando lle contei a miña historia, púxena nun estado que daba mágoa. ¿Non faría el un pecado da súa conmiseración? E a escena da noite da que el esperaba o desenlace cun espanto mortal... Certamente, este home era demasiado severo...

Fose o que fose, eu cumprín puntualmente o que me prescribira e do que previra, sen dúbida, a consecuencia inmediata. Tan pronto saín do confesionario, funme axeonllar ao pé do altar. Tiña a cabeza perturbada de espanto. Permanecín alí ata a cea. A superiora, inquieta polo que me pasara, mandou que me chamasen. Respondéronlle que estaba rezando. Achegárase varias veces á porta do coro, mais eu finxira non vela. Chamaron para a cea. Dirixinme ao refectorio. Comín de présa e, unha vez que acabou a cea, volvín á igrexa. Non acudín ao recreo da noite. Á hora de se retirar e de se deitar, non subín. A superiora non ignoraba onde estaba. A noite ía moi avanzada e todo estaba en silencio no convento, cando descendeu onda min. A imaxe baixo a cal o director espiritual ma amosara volveu aparecer na miña imaxinación. Empecei a tremer; non ousaba vela; crin que a vería cun aspecto repelente e toda envolveita en lapas, e dicía no meu interior: Satana, vade retro, apage, Satana. Meu Deus, protexédeme, afastade de min este demo.

Púxose de xeonllos e, despois de rezar algún tempo, díxome:

—Sainte-Suzanne, ¿que facedes aquÍ?

—Señora, xa o vedes.

—¿Sabedes qué hora é?

—Si, señora.

—¿Por que non volvestes á vosa cela á hora do retiro?

—Porque me preparaba para celebrar mañá o día santo.

—¿Tedes intención de pasar aquí a noite?

—Si, señora.

—¿E quen vos deu permiso?

—Ordenoumo o director.

—O director non ten nada que ordenar contra a regra do convento, e eu ordénovos que vos vaiades deitar.

—Señora, é a penitencia que me impuxo.

—Substituirédela por outras obras.

—Non podo decidilo eu.

—Veña –díxome–, miña nena. Vide. O fresco da igrexa durante a noite faravos mal. Rezaredes na vosa cela.

Despois disto, quixo collerme a man pero afasteime con rapidez.

—¿Escapades de min? –díxome.

—Si, señora, escapo...

Tranquila pola serenidade do lugar, pola presenza da divindade e pola inocencia do meu corazón, atrevinme a erguer a mirada cara a ela; pero, tan logo como a vin, dei un grito e botei a correr polo coro coma unha insensata, berrando:

—¡Lonxe de min, Satán!...

Non me seguiu, permaneceu no seu sitio e dicíame, tendéndome os brazos suavemente e coa voz máis conmovedora e máis doce:

—¿Que tedes? ¿De onde vén ese espanto? Detédevos... Non son Satán. Son a vosa superiora e amiga.

Parei; virei outra vez a cabeza cara a ela e vin que me espantara por unha aparencia rara que a miña imaxinación creara; ela estaba situada con respecto á lámpada da igrexa, de xeito que só o rostro e a extremidade dos dedos estaban iluminados e o resto quedaba na sombra, o que lle confería un aspecto singular. Xa un pouco recuperada, tireime nunha cadeira. Achegouse; ía sentarse na cadeira veciña cando me erguín e me coloquei na cadeira de baixo. Fun así de cadeira en cadeira, e ela tamén, ata a última. Entón detívenme e obrigueina a que deixase polo menos un lugar baleiro entre ela e eu.

—Así o quero –díxome.

Sentamos ambas as dúas, separadas por unha cadeira. Entón, a superiora, tomando a palabra, díxome:

—¿Poderíase saber, Sainte-Suzanne, de ónde vén o pavor que vos causa a miña presenza?

—Querida madre –díxenlle–, perdoádeme, non son eu. É o padre Lemoine. Describiume a tenrura que sentides por min, as caricias que me facedes e nas que vos confeso que non vexo ningún mal, baixo as cores máis espantosas. Ordenoume fuxir de vós, non volver estar con vós soa, saír da miña cela se vides vós, pintouvos coma o demo, ¡que sei eu que máis me dixo!

—¿Entón falásteslle?

—Non, querida madre; pero non puiden absterme de responderlle.

—¿Son horrible, polo tanto, aos vosos ollos?

—Non, querida madre, non podo evitar amarvos, sentir o valor da vosa bondade, pedirvos que continuedes a darma pero obedecereille ao meu director.

—¿Non volveredes virme ver?

—Non, querida madre.

—¿Non me volveredes recibir na vosa cela?

—Non, querida madre.

—¿Rexeitaredes as miñas caricias?

—Custarame moito, pois nacín cariñosa e gústame moito que me acariñen, pero ten que ser. Prometinllo ao director e fixen a promesa ao pé do altar. Se puidese repetirvos a maneira na que se explica: é un home piadoso e ilustrado. ¿Que interese tería en amosarme un perigo onde non o hai, en afastar o corazón dunha relixiosa do corazón da súa superiora? Quizais recoñeza nas accións máis inocentes da vosa parte e da miña un xénero de corrupción secreta que el cre completamente desenvolvida en vós e que teme que se desenvolva en min. Non vos ocultarei que, volvendo sobre as impresións que sentín algunha vez... ¿De onde vén, querida madre, que ao saír de estar con vós, ao volver á cela, estivese axitada, pensativa? ¿De onde vén que non poida nin rezar nin facer nada? ¿De onde vén esa especie de tedio que nunca experimentara? ¿Por que, eu que nunca durmín de día, sentía ganas de durmir? Cría que tiñades unha enfermidade contaxiosa cuxo efecto comezaba a operarse en min. O padre Lemoine viuno doutra maneira.

—¿E como o ve el?

—El ve niso todas as maldades do crime, a vosa ruína consumada, a miña proxectada..., ¡que sei eu!

—Veña –díxome–, o voso padre Lemoine é un gran visionario; non é o primeiro escándalo desta natureza que me causa. Basta con que me una a alguén cunha amizade tenra para que el se dedique a trastornarlle a cabeza. Pouco faltou para que non volvese tola á pobre Sainte-Thérèse... Isto comeza a aburrirme, e desfareime dese home; ademais, vive a dez leguas de aquí, é unha incomodidade facelo vir, non está cando se precisa... Pero xa falaremos diso con máis tranquilidade... ¿Non queredes ir para arriba, entón?

—Non, querida madre, pídovos como favor que me permitades pasar aquí a noite. Se falto a ese deber, mañá non ousarei achegarme aos sacramentos co resto da comunidade... Mais vós, querida madre, ¿ides comungar?

—Sen dúbida.

–¿Pero o padre Lemoine non vos dixo nada, entón?

—Non.

—¿E como pode ser iso?

—Porque non tivo ocasión de me falar. Só se vai confesar para acusarse dos pecados, e non vexo ningún en amar moi tenramente unha rapaza tan amable coma Sainte-Suzanne. Se houbese niso algunha falta, sería a de concentrar sobre ela soa un sentimento que debería repartirse por igual sobre todas as que compoñen a comunidade, pero iso non depende de min. Non podo evitar distinguir o mérito onde o hai e sentirme atraída por un sentimento de preferencia. Pídolle perdón a Deus por iso e non concibo como o voso padre Lemoine ve a miña condena selada por unha parcialidade tan natural e da que é tan difícil gardarse. Trato de que todas sexan felices, pero amo máis a unhas ca a outras porque son máis amables e máis dignas de estima. Velaí todo o meu crime con vós. Sainte-Suzanne, ¿credes que é moi grande?

—Non, querida madre.

—Veña, querida filla, recemos unha oración máis cada unha e retirémonos.

Supliqueille de novo que me permitise pasar a noite na igrexa. Consentiuno, a condición de que non volvese suceder, e retirouse.

Pensei no que me dixera. Pedinlle a Deus que me iluminase; reflexionei e concluín, unha vez considerado todo, que aínda que as persoas fosen do mesmo sexo, podía haber polo menos indecencia na maneira na que se testemuñaban a súa amizade; que o padre Lemoine, home austero, talvez esaxerase as cousas pero que o consello de evitar a extrema familiaridade da miña superiora con moita reserva era fácil de seguir e prometinmo.

Pola mañá, cando as relixiosas viñeron ao coro, encontráronme no meu sitio; achegáronse todas ao altar e a superiora á cabeza, o que acabou de persuadirme da súa inocencia, sen apartarme da decisión que tomara. Ademais, faltaba moito para que eu sentise por ela a atracción que ela experimentaba por min. Non podía evitar comparala coa miña primeira superiora: ¡que diferenza! Non era nin a mesma piedade nin a mesma gravidade nin a mesma dignidade nin o mesmo fervor nin o mesmo espírito nin o mesmo gusto pola orde.

No intervalo de poucos días sucederon dous grandes acontecementos. Un é que gañei o proceso contra as relixiosas de Longchamp polo que foron condenadas a pagarlle á casa de Sainte-Eutrope, onde estaba eu, unha pensión proporcionada ao meu dote,o outro é o cambio de director espiritual. Foi a superiora quen me comunicou o último.

Con todo, eu xa non ía á cela dela, a non ser acompañada, e ela xa non viña á miña soa. Buscábame continuamente pero eu evitábaa. Dábase de conta, e facíame reproches por iso. Non sei qué pasaba nesa alma pero tiña que ser algo extraordinario. Erguíase pola noite e paseaba polos corredores, sobre todo polo meu. Eu oíaa ir e vir, parar á miña porta, queixarse, suspirar. Tremía e afundíame na cama. Polo día, se eu estaba no paseo, na sala de traballo ou no cuarto do recreo, de maneira que non puidese vela, pasaba horas enteiras a observarme. Espiaba todos os meus pasos. Se baixaba, encontrábaa no baixo das escaleiras; esperábame arriba cando eu subía. Un día detívome; púxose a observarme sen dicirme nada; fluían dos ollos abundantes bágoas. Despois, de repente, tirándose no chan e apertándome un xeonllo coas mans, díxome:

—Irmá cruel, pídeme a vida e dareicha pero non me evites. Xa non podería vivir sen ti.

Deume mágoa o seu estado; tiña os ollos apagados; perdera a louzanía e as cores. Era a miña superiora e estaba aos meus pés, coa cabeza apoiada contra o meu xeonllo que tiña abrazado. Tendinlle as mans; colleunas con ardor, bicounas e despois miroume e volveu bicalas e volveu mirarme; erguina. Ela vacilou. Custáballe camiñar. Reconducina á súa cela. Cando a súa porta estivo aberta, colleume pola man e tiroume suavemente para facerme entrar, pero sen falarme e sen mirarme.

—Non –díxenlle–, querida madre, non. Prometino. É o mellor para vós e para min; ocupo demasiado espacio na vosa alma, perdido para Deus a quen llo debedes completamente.

—¡E reprochádesmo vós!

Eu trataba, mentres lle falaba, de liberar a miña man da dela...

—¿Non queredes entrar, entón? –díxome.

—Non, querida madre. Non.

—Non queredes, Sainte-Suzanne. Non sabedes o que pode suceder. Non, non o sabedes. Farédesme morrer...

Esas últimas palabras inspiráronme un sentimento contrario a aquel que ela se propoñía. Retirei a man con vivacidade e fuxín. Deu a volta, viume dar algúns pasos; despois, entrando na cela e deixando a porta aberta, púxose a exhalar agudas queixas. Eu oínas. Afectáronme. Por un momento non souben se continuar a afastarme ou se volver. Non obstante, non sei por qué movemento de aversión, afasteime; mais non sen sufrir pola situación na que a deixaba, pois son compasiva por natureza. Pecheime na miña cela. Sentíame incómoda. Non sabía en que ocuparme. Dei algunhas voltas ao longo e o largo, distraída e turbada. Saín. Volvín entrar. Á fin, fun chamar á porta de Sainte-Thérèse, a miña veciña, quen mantiña unha conversa íntima con outra moza relixiosa amiga súa. Díxenlle:

—Querida irmá, sinto interrompervos pero prégovos que me escoitedes un momento, teño algo que dicirvos.

Seguiume á miña cela e eu díxenlle:

—Non sei qué lle pasa á nosa superiora. Está desesperada. Se fósedes a xunto dela talvez puidésedes consolala.

Non me respondeu. Deixou a súa amiga na cela, pechou a porta e correu xunto á nosa superiora.

A enfermidade desta muller foi empeorando de día a día. Volveuse melancólica e seria. A alegría, que desde a miña chegada á casa non cesara, desapareceu de golpe. Todo entrou na orde máis austera; os oficios comezaron a realizarse coa dignidade conveniente; os estraños foron excluídos do locutorio case por completo; prohibiulles ás relixiosas ir unhas ós cuartos das outras; os exercicios tomaron a exactitude máis escrupulosa; xa non houbo máis asembleas na cela da superiora nin colacións; as faltas máis lixeiras foron severamente castigadas. Algunhas veces, aínda acudían a min para obter o perdón; pero eu negábame rotundamente a pedilo. A causa desta revolución non foi ignorada por ninguén. As anciás non estaban enfadadas; pero as novas desesperábanse, mirábanme con malos ollos. En canto a min, tranquila pola miña conduta, non me preocupaba do seu mal humor e os seus reproches.

Aquela superiora, á que eu non podía nin aliviar nin absterme de compadecer, pasou sucesivamente da melancolía á piedade, e da piedade ao delirio. Non a vou seguir no curso deses diferentes progresos, faríame caer nun detalle sen fin. Só vos direi que no primeiro período, tan pronto me buscaba como me evitaba; tratábanos, algunhas veces, ás outras e a min, coa súa dozura acostumada; algunhas veces tamén pasaba subitamente ao rigor máis esaxerado; chamábanos ou mandábanos; concedía o recreo e revogaba a súa orde un momento despois; facíanos chamar ao coro e, cando todo estaba en movemento para obedecela, un segundo golpe de campá volvía pechar a comunidade. É difícil imaxinar a turbación da vida que levabamos. Pasabamos o día saíndo e entrando na súa cela, collendo o breviario e pousándoo, subindo e descendendo, baixando o veo e levantándoo. A noite case era tan interrompida coma o día.

Algunhas relixiosas dirixíronse a min e trataron de me facer entender que cun pouco de compracencia e de consideración pola superiora, todo volvería á orde, deberían dicir á desorde, acostumada pero respondinlles con tristeza: «Compadézovos, mais dicídeme claramente qué teño que facer.» Unhas daban a volta baixando a cabeza e sen responderme; outras dábanme consellos imposibles de compatibilizar cos do director espiritual, falo do que fora destituído porque aínda non viramos o sucesor .

A superiora xa non saía pola noite. Pasaba semanas enteiras sen aparecer no oficio nin no coro nin no refectorio nin no recreo. Permanecía pechada na súa estancia. Deambulaba polos corredores ou baixaba á igrexa. Ía petar ás portas das relixiosas e dicíalles cunha voz queixosa: «Sor Fulana, rogade por min; sor Mengana, rogade por min.» Estendeuse o rumor de que se preparaba para unha confesión xeral.

Un día, que baixei de primeira á igrexa, vin un papel atado ao pano da reixa; achegueime e lin: «Queridas irmás, estades invitadas a rogar por unha relixiosa que se equivocou nos seus deberes e que quere retornar a Deus.» Estiven tentada de arrincalo, pero deixeino. Algúns días despois, había outro no que escribiran: «Queridas irmás, estades invitadas a implorar a misericordia de Deus para unha relixiosa que recoñeceu os seus extravíos; son grandes.» Outro día, había outra invitación que dicía: «Queridas irmás, rógovos que lle pidades a Deus que afaste a desesperación dunha relixiosa que perdeu toda a confianza na misericordia divina.»

Todas esas invitacións onde se describían as crueis vicisitudes daquela alma en pena, entristecíanme profundamente. Un día quedei coma unha estatua fronte a un daqueles carteis. Pregunteime a min mesma, cales eran eses extravíos que ela se reprochaba, de onde viñan os transos daquela muller, qué crimes podía ter que censurarse; acordábame das expresións do director espiritual, buscáballes un sentido pero non llelo encontraba e permanecía absorta. Algunhas relixiosas que me miraban, falaban entre elas e, se non me equivoco, mirábanme como incesantemente ameazada polos mesmos terrores.

Aquela pobre relixiosa só aparecía co veo baixo. Xa non se metía nos asuntos da casa. Non falaba con ninguén. Tiña frecuentes conferencias co novo director espiritual que nos asignaran. Era un mozo benedictino. Non sei se este lle impuxera todas as mortificacións que ela practicaba. Facía xaxún tres días á semana; atormentábase; escoitaba o oficio desde as cadeiras inferiores. Había que pasar por diante da porta dela para ir á igrexa; alí, encontrabámola de xeonllos, co rostro contra o chan, e non se erguía ata que xa non había ninguén. Polas noites, baixaba en camisón e descalza. Se Sainte-Thérèse ou eu a encontrabamos por azar, daba a volta e pegaba o rostro contra a parede. Un día que saía da miña cela, encontreina axeonllada, cos brazos estendidos e a cara contra o chan; eu parei e ela díxome:

—Avanzade, camiñade, pisádeme, non merezo outro trato.

Durante meses enteiros que durou esta enfermidade, o resto da comunidade tivo tempo de padecer e de collerme aversión. Non volverei falar das penalidades dunha relixiosa que é odiada no convento; vós debedes de estar informado disto actualmente. Sentín pouco a pouco renacer o noxo polo meu estado. Levei ese desgusto e as miñas penas ao seo do novo director espiritual. Chámase don Morel. É un home dun carácter ardente que está a punto de chegar aos corenta. Pareceu escoitarme con atención e interese. Desexou coñecer os sucesos da miña vida. Fíxome entrar nos detalles máis minuciosos sobre a miña familia, as miñas inclinacións, o meu carácter, os conventos nos que estivera, sobre o que pasara entre a superiora e eu. Non lle ocultei nada. Non me pareceu que lle prestase á conduta da superiora comigo a mesma importancia que o padre Lemoine. Apenas se dignou dicirme algunhas palabras sobre o tema. Considerou ese asunto como acabado. A cousa que máis o afectaba eran as miñas disposicións secretas verbo da vida relixiosa. A medida que eu me abría, a súa confianza facía os mesmos progresos; se eu me confesaba con el, el confesábase comigo; o que me dicía das súas penas tiña a máis perfecta conformidade coas miñas: era relixioso contra a súa vontade; soportaba o seu estado co meu desgusto e non era menos digno de mágoa ca min.

—Pero, querida irmá –engadía–, ¿que podemos facer? Só hai unha solución, a de volver a nosa condición o menos penosa posible.

E despois dábame os mesmos consellos que el seguía; eran sabios.

—Con iso –engadía–, non se evitan as penas; só se consegue soportalas. As persoas relixiosas só son felices mentres fan un mérito das súas cruces ante Deus. Entón, alégranse; van diante nas mortificacións; canto máis amargas e frecuentes son, máis se felicitan. É un intercambio que fixeron da súa felicidade presente por unha felicidade futura; aseguran esta polo sacrificio voluntario daquela. Cando sufriron moito dinlle a Deus: Amplius, domine; Señor, dáme máis..., e esta é unha petición que Deus non deixa de satisfacer. Pero se as súas penas son feitas para vós e para min coma para elas, nós non podemos esperar a mesma recompensa. Non temos a única cousa que lles daría valor, a resignación. É triste. Ai, ¿como vos vou inspirar a virtude que vos falta se eu non a teño? Non obstante, sen ela expoñémonos a perdernos na outra vida, despois de ser moi infelices nesta. No medio das penitencias condenámonos case seguro coma a xente do mundo no medio dos praceres; nós privámonos, eles gozan e despois desta vida espérannos os mesmos suplicios. ¡Que desagradable é a condición dun relixioso, dunha relixiosa que non se senten chamados! Así e todo, é a nosa e non podemos cambiala. Cargáronnos de pesadas cadeas que estamos condenados a arrastrar sen descanso, sen ningunha esperanza de rompelas. Tratemos, querida irmá, de arrastralas. Ide. Volverei para vervos.

Volveu algúns días despois. Vino no locutorio. Examineino un pouco máis de cerca. Acabou de confiarme a súa vida, e eu a el a miña, unha infinidade de circunstancias que formaban entre el e eu outros tantos puntos de contacto e de semellanza; sufrira case as mesmas persecucións domésticas e relixiosas. Non me daba conta de que a descrición do seu fastío era pouco apropiada para disipar o meu, aínda que se producise en min ese efecto, e creo que a descrición do meu pesar producía o mesmo efecto nel. É así como o parecido entre os caracteres se unía ao dos acontecementos; canto máis nos viamos, máis nos gustabamos un ao outro. A historia dos seus momentos, era a historia dos meus. A historia dos seus sentimentos era a historia dos meus. A historia da súa alma era a historia da miña.

Cando xa falaramos moito de nós, falabamos tamén das outras e, sobre todo, da superiora. Entón, a súa condición de director espiritual volvíao máis reservado; aínda así, percibín a través das súas palabras que a disposición actual daquela muller non duraría; que estaba loitando contra ela mesma, pero en van, e que acabaría sucedendo unha de dúas cousas, ou que volvería ás súas primeiras inclinacións ou que perdería a razón. Eu tiña moita curiosidade por saber máis. El poderíame esclarecer preguntas que eu me formulara e ás que nunca lles puidera dar unha resposta, pero non ousaba preguntarlle. Só me arrisquei a preguntarlle se coñecía o padre Lemoine.

—Si –díxome–, coñézoo; é un home de mérito, de moito mérito.

—Deixamos de telo como directos de repente.

—É certo.

—¿Non me podedes dicir cómo foi iso?

—Desagradaríame que iso transcendese.

—Podedes contar coa miña discreción.

—Creo que escribiron contra el ao arcebispado.

—¿E que lle puideron dicir?

—Que vivía moi lonxe do convento, que non estaba cando o precisaban, que era dunha moral demasiado austera, que había certas razóns para sospeitar nel sentimentos innovadores; que sementaba a división no convento e que afastaba o espírito das relixiosas do da súa superiora.

—¿E por quen sabedes iso?

—Por el mesmo.

—¿Vós védelo, entón?

—Si, véxoo. Faloume de vós algunha vez.

—¿Que vos dixo?

—Que erades moi digna de compaixón; que non sabía como podiades ter resistido todas as penalidades que sufristes; que, aínda que só tivo ocasión de falar con vós unha ou dúas veces, cría que nunca poderedes afacervos á vida relixiosa; que tiña a intuición de que...

Aquí parou de repente e eu engadín:

¿Que intuía?

Don Morel respondeume:

—É un asunto de confianza moi particular para que poida acabar...

Non insistín, só engadín:

—É certo que foi ese padre Lemoine quen me inspirou o afastamento da superiora.

—Fixo ben.

—¿E por que?

—Miña irmá –díxome, adoptando un aire grave–, seguide os seus consellos e tratade de ignorar o seu motivo mentres vivades.

—Pero paréceme que, se coñecese o perigo, estaría máis atenta para evitalo.

—Talvez fose ao contrario.

—Debedes ter moi mala opinión de min.

—Teño dos vosos hábitos e da vosa inocencia a opinión que debo ter; pero crede que hai luces funestas que non poderiades acadar sen prexudicarvos. Foi a vosa inocencia o que se impuxo á superiora; se estivésedes máis instruída, teríavos respectado menos.

—Non vos entendo.

—Tanto mellor.

—Pero, ¿que poden ter de perigoso a familiaridade e os aloumiños dunha muller para outra?

Non houbo resposta por parte de don Morel.

—¿Non sigo sendo a que era cando entrei aquí? ¿Onde está, entón, o mal de amarse, de dicilo, de testemuñalo? ¡É tan doce!

—É certo –dixo don Morel, erguendo cara a min a mirada, que tivera sempre baixa ata aquel momento, mentres eu falaba.

—E iso, ¿é entón tan común nas casas relixiosas? ¡Miña pobre superiora! ¡En que estado caeu!

—É penoso e moito temo que empeore. Ela non estaba feita para o seu estado e velaí o que sucede tarde ou cedo. Cando un se opón á inclinación xeral da natureza, a constrición desvíao cara a afeccións desordenadas, que son máis violentas canto peor fundadas; é unha especie de loucura.

—¡Está tola!

—Si, está e aínda o estará máis.

—¿E credes que ese é o destino que lles espera aos que están comprometidos cun estado para o que non se senten chamados?

—Non, non todos. Hai quen morre antes; hai quen ten o carácter flexible e se afai co tempo; hai a quen vagas esperanzas o sosteñen certo tempo.

—¿Que esperanza hai para unha relixiosa?

—¿Cal? En principio, a de facer anular os seus votos.

—¿E cando xa non se ten esa?

—A de que un día se encontrarán as portas abertas; que os homes abandonarán a extravagancia de pechar en sepulcros mozas novas cheas de vida e que os conventos serán abolidos; que o lume devastará o convento; que os muros da clausura caerán; que alguén a socorrerá. Todas esas suposicións rodan pola cabeza; fálase delas; mírase, paseando polo xardín, se os muros son moi altos; se é que se está na cela, agárranse os barrotes da reixa e sacódense suave e distraidamente; se as ventás dan á rúa, mírase para ela; se é que se oe pasar a alguén, o corazón latexa, suspírase secretamente por un libertador. De armase algún tumulto no convento, espérase algo bo; tense a esperanza dunha enfermidade que nos aproximará a un home ou que nos enviará aos baños.

—É certo, é certo –exclamei–, ledes no fondo do meu corazón. Eu tiven, aínda teño, esas ilusións.

—E cando se chega a perdelas reflexionando nelas, pois os folgos saudables que o corazón lle envía á razón disípanse por momentos, vese toda a magnitude da propia miseria; un detéstase a si mesmo, detesta os outros, chora, xeme, exclama e sente a proximidade da desesperación. Entón, unhas corren a tirarse aos pés da superiora e van aí buscar consolo; outras prostérnanse ou na súa cela ou ao pé dos altares e piden o auxilio do ceo; outras esgazan os vestidos e arrincan o pelo; outras buscan un pozo fondo, fiestras ben altas, unha corda e, ás veces, encóntrana; outras, despois de vivir atormentadas durante moito tempo, caen nunha especie de embrutecemento e quedan imbéciles; outras, febles e delicadas, consómense de melancolía; hai en quen se altera a orde, se turba a imaxinación e se volve violenta. As máis afortunadas son aquelas nas que reinan as mesmas consoladoras ilusións e arrólanas case ata a tumba; a súa vida pasa entre a alternativa do erro e da desesperación.

—¿E as máis desgraciadas –engadín, ceibando un profundo suspiro– son aquelas que experimentan sucesivamente todos eses estados? ¡Ai, padre, como sinto tervos escoitado!

—¿Por que?

—Eu non me coñecía. Agora coñézome. As miñas ilusións durarán menos. Nos momentos...

Ía continuar, cando outra relixiosa entrou e despois outra e despois unha terceira e despois unha cuarta, quinta, sexta, non sei cantas. A conversación volveuse xeral. Unhas miraban ao director, outras escoitaban en silencio e coa mirada baixa; varias interrogábano á vez; todas admiraban a sabedoría das súas respostas. Mentres, eu retirárame a un ángulo no que me abandonei a unha meditación profunda. No medio desas conversacións, nas que cada unha buscaba facerse valer e atraer a preferencia do home santo cara ao seu lado vantaxoso, oíuse que alguén chegaba a paso lento, que paraba por intervalos e suspiraba; escoitan, din en voz baixa: «É ela; é a superiora.» De contado, fican en silencio e despois sentan en círculo. Era ela, en efecto. Entrou. Caíalle o veo ata a cintura; tiña os brazos cruzados sobre o peito e a cabeza inclinada. Fun a primeira que viu. Ao instante, sacou de debaixo do veo unha man coa que tapou os ollos e, póndose un pouco de lado, coa outra fíxonos sinal de que saísemos. Saímos en silencio e quedou a soas con don Morel.

Prevexo, señor marqués, que ides formar unha mala opinión de min; pero, dado que non teño vergonza polo que fixen, ¿por que vou poñerme rubia ao confesalo? E á parte, ¿como suprimir do meu relato un suceso que non deixou de ter consecuencias? Digamos, entón, que tiven unha reacción ben singular. Cando algo pode excitar a vosa estima ou acrecentar a vosa conmiseración, escribo, ben ou mal, pero cunha rapidez e unha facilidade incribles; a miña alma ponse contenta; sáenme as palabras sen traballo; as bágoas flúen con dozura; paréceme que estades presente, que vos vexo e que me escoitades. Se me desgusta amosarme ante vós cun aspecto desfavorable, penso con dificultade, a expresión négase a saír, a pluma escribe mal; o carácter mesmo da escritura reséntese e só continúo porque fachendeo, secretamente, de que non leredes estas pasaxes. Velaquí unha.

Cando todas as irmás se retiraron... ¡Ben!, ¿que fixestes? ¿Non o adiviñades?... Non, sodes demasiado honesto para iso. Baixei na punta dos pés e funme poñer á porta do locutorio para escoitar o que dicían. Iso está moi mal, diredes... ¡Oh!, si, está moi mal. Díxeno para min; e a miña turbación, as precaucións que tomei para non ser vista, as veces que me parei e a voz da miña conciencia que me apremaba a cada paso a dar a volta, non permitían dubidalo. Con todo, a curiosidade puido máis e fun. Mais se está mal sorprender a conversa de dúas persoas que se cren soas, ¿non é peor aínda contárvolo? Velaquí unha desas pasaxes que escribo, porque me prezo de que non a leredes. Non é certo, pero teño que convencerme diso.

As primeiras palabras que oín despois dun silencio bastante longo fixeron que me estremecese; foron:

—Padre, estou condenada...

Tranquiliceime. Escoitei; o veo, que ata entón me mantivera a salvo do perigo que correra, rachaba, cando me chaman. Tiña que ir e fun pero, ai, xa oíra demasiado. ¡Que muller, señor marqués! ¡Que abominable muller...!

 

 

Aquí as memorias da irmá Suzanne interrómpense. O que segue non son máis que resumos do que aparentemente tiña intención de empregar no resto do seu relato. Parece que a superiora se volveu tola e que é co seu estado desgrazado co que hai que relacionar os fragmentos que vou transcribir.

Despois desta confesión, tivemos algúns días de serenidade. A alegría volve entrar na comunidade e fanme cumprimentos que rexeito con indignación.

Ela xa non fuxía de min; observábame, mais a miña presenza non parecía que a turbase.

Trataba de ocultarlle o horror que me inspiraba desde que, por unha feliz ou fatal curiosidade, aprendera a coñecela mellor.

Logo volveuse silenciosa; non dicía máis que si ou non; paseaba soa.

Non toma alimentos; acéndeselle o sangue; apodérase dela a febre e á febre sucédelle o delirio.

Soa, na súa cama, veme, fala comigo, invítame a que me achegue, diríxeme as palabras máis tenras.

Se oe camiñar ao redor do seu cuarto, exclama: «É ela que vai aí: son os pasos dela, recoñézoos. Que a chamen... Non, non, que a deixen.»

Unha cousa curiosa é que nunca se equivocara e confundira a outra comigo.

Ría ás gargalladas; un momento despois, desfacíase en lágrimas. As nosas irmás rodeábana en silencio e algunhas choraban con ela.

Dicía de golpe: «Non fun á igrexa; non lle recei nada a Deus. Quero saír desta cama, quero vestirme; vestídeme.» Se se opoñían dicía: «Dádeme polo menos o breviario...», dábanllo; abríao; dáballe a volta ás follas co dedo e continuaba a darlles a volta, mesmo cando xa non había máis. Mentres, tiña a mirada extraviada.

Unha noite, baixou á igrexa. Algunhas das nosas irmás seguírona. Axeonllouse nos chanzos do altar; púxose a xemer, a suspirar, a rezar en voz alta; saíu; entrou e dixo: «Que a vaian buscar, ¡é unha alma tan pura!, ¡é unha criatura tan inocente! Se ela unise as súas oracións ás miñas...» Despois, dirixíndose a toda a comunidade e volvéndose cara ás cadeiras que estaban baleiras, exclamou: «Saíde, saíde todas e que quede a soas comigo. Non sodes dignas de achegarvos a ela; se as vosas voces se mesturasen coa dela, o voso incenso profano corrompería ante Deus a dozura do seu. Que se afasten. Que se afasten.» Despois, animábame a pedirlle ao ceo axuda e perdón; vía a Deus; o ceo parecíalle atravesado de relampos, entreabrirse e bramar sobre a súa cabeza; uns anxos descendían indignados; as miradas da divindade facíana tremer. Corría por todos os lados; afundíase nos ángulos escuros da igrexa; pedía misericordia; pegaba a cara contra o chan e adormecía. Afectoulle o fresco húmido do lugar e levárona para a cela coma morta.

Ao día seguinte esquecera a terrible escena da noite. Dicía: «¿Onde están as nosas irmás? Xa non vexo a ninguén. Quedei soa no convento. Abandonáronme todas e SainteThérèse tamén. Fixeron ben... Posto que Sainte-Suzanne xa non está, podo saír, non a encontrarei... ¡Ai, se a volvese encontrar!, pero xa non está, ¿non si?, ¿non é certo que xa non está? ¡Afortunado o convento que a posúe!... Contaralle todo á súa nova superiora; ¿que vai pensar de min?... ¿SainteThérèse morreu? Oín tocar a morto toda a noite... ¡Pobre rapaza!, perdeuse para sempre; e fun eu, fun eu... Un día, terei que enfrontarme a ela; ¿que lle vou dicir?, ¿que lle vou responder? ¡Ai dela! ¡Ai de min!»

Noutro momento dicía: «As nosas irmás, ¿viñeron? Dicídelles que estou moi mala..., erguede a almofada..., desatádeme..., sinto algo que me oprime... Árdeme a cabeza. Sacádeme a touca... Quero lavarme... Traédeme auga; botade, botade máis... Están brancas pero a mancha da alma quedou... Quería estar morta. Quería non ter nacido, non a vería.»

Unha mañá, encóntrana descalza, en camisón, despeiteada, berrando, botando escuma pola boca e correndo pola cela, coas mans pousadas nas orellas, os ollos pechados e o corpo apertado contra a parede... «Afastádevos dese precipicio; ¿oídes eses berros?, son os infernos; vexo que se elevan lapas de lume dese profundo abismo. Entre o lume oio voces confusas que me chaman... ¡Meu Deus, tede piedade de min!... Ide rápido, chamade, xuntade a comunidade, pedide que recen por min, eu tamén rezarei. Pero apenas é de día, as nosas irmás dormen. Non pechei ollo en toda a noite. Gustaríame durmir pero non podo.»

Unha das nosas irmás dicíalle:

—Señora, se tedes algunha pena, confiádema, quizais iso vos alivie.

— Sor Agathe, escoitade. Achegádevos a min..., máis preto..., máis preto aínda. É mellor que non nos oian. Vouvos contar todo; pero gardádeme o segredo. ¿Vístela?

—¿A quen, madre?

—¿Non é certo que ninguén ten a mesma dozura? ¡Como camiña!, ¡que decencia!, ¡que nobreza!, ¡que modestia!... Ide onda ela; dicídelle.. ¡Ah! non, non digades nada; non vaiades. Non poderiades achegarvos a ela. Os anxos do ceo mírana, vixían ao redor dela; vinos. Veriádelos e asustariádesvos coma min. Ficade..., se fósedes, ¿que lle diriades? Inventade algo co que non se poña rubia...

—Pero, señora, se consultásedes co noso director...

—Si, mais si... Non, non, sei o que me vai dicir; xa o oín tantas veces... ¿De que lle ía falar? Se puidese perder a memoria. ¡Se puidese entrar na nada ou volver nacer!... Non chamedes ao director, prefiro que alguén me lea a paixón do noso señor Xesús. Lede... Comezo a respirar... Só me fai falta unha gota de sangue para purificarme... Mirade, brota a cachón do seu costado... Inclinade esa chaga sagrada sobre a miña cabeza. O seu sangue flúe sobre min e non queda pegada. ¡Estou perdida!... Afastade ese crucifixo... Achegádemo... –volvíanllo traer; apertábao entre os brazos; bicábao por todas partes e despois engadía–: Son os seus ollos; é a súa boca; ¿cando a volverei ver?... Irmá Agathe, dicídelle que a amo; describídelle ben o meu estado; dicídelle que morro.

Sangrárona; déronlle baños; pero o seu mal parecía que acrecentaba cos remedios. Non ouso describirvos todas as accións indecentes que fixo, repetirvos todas as palabras deshonestas que lle escapaban no seu delirio. En todo momento levaba a man á fronte, como para apartar inoportunas ideas, imaxes, ¡que sei eu que imaxes! Afundía a cabeza na cama; tapaba a cara coas sabas. «É o tentador», dicía, «é el. ¡Que forma tan rara adoptou! Collede auga bendita. Botade auga bendita por riba de min... Parade, parade, xa non está.»

Non tardan en illala, pero a súa prisión non estaba tan ben gardada como para que non conseguise escapar un día. Rachara a roupa; percorría os corredores espida; só lle caían dos brazos dous anacos de corda rota; exclamaba:

—Son a vosa superiora; todas fixestes xuramento, obedecédeme. Pechástesme, desgrazadas, velaí a recompensa da miñas bondades. Ofendédesme porque son demasiado boa. Xa non o serei máis... ¡lume!... ¡ó asasino!... ¡ó ladrón!... ¡socorro!... A min sor Thérèse... A min, sor Suzanne...

Agarrárona e reconducírona á prisión; ía dicindo:

—Tedes razón; tedes razón. ¡Ai!, virei tola. Doume de conta.

Algunhas veces parecía obsesionada polo espectáculo de diferentes suplicios. Vía mulleres coa corda ao pescozo ou coas mans atadas ás costas; víaas con fachos na man; uníase ás que pedían perdón en público. Críase conducida á morte. Dicíalle ao verdugo: «Merecín a miña sorte, merecina. Se este tormento fose o derradeiro..., pero é unha eternidade, unha eternidade de lume.»

Non digo aquí nada que non sexa certo, e todo o que me queda por dicir ou non me acorda ou faría que me puxese colorada, manchando estes papeis.

Despois de vivir varios meses neste estado deplorable, morreu. ¡Que morte, señor marqués! Vina, vin a terrible imaxe da desesperación e do crime na súa última hora. Víase rodeada de espíritos infernais que esperaban a alma dela para collela. Dicía cunha voz afogada: «Velaí os están!, ¡velaí os están!...», e, opoñéndolles de dereita a esquerda un crucifixo que tiña na man, ouleaba e gritaba... «Meu Deus! ¡Meu Deus!» Sor Thérèse seguiuna logo; e chegounos outra superiora, de idade, enferma e supersticiosa.

Acúsanme de enfeitizar a súa antecesora; ela creuno e renóvanse as miñas penas.

O novo director é igualmente perseguido polos seus superiores e convénceme para que escape do convento.

A miña fuxida está proxectada. Diríxome ao xardín entre as once e a media noite. Bótanme cordas, átoas arredor de min, rompen e caio; teño as pernas esgazadas e unha forte contusión nos riles. Despois dunha segunda, terceira tentativa elévanme ao alto do muro. Baixo. ¡Cal foi a miña sorpresa! En lugar dun coche de posta, no que esperaba ser recibida, encontro unha ruín carroza pública. Velaí estou de camiño a París, cun mozo benedictino. Non tardei en decatarme, polo ton indecente que se tornaba e polas liberdades que se permitía, que non cumpre comigo ningunha das condicións que foran estipuladas. Entón, boto de menos a miña cela e sinto todo o horror da miña situación.

É aquí onde describirei a miña escena no coche de posta. ¡Que escena! ¡Que home!

Berro. O cocheiro vén para auxiliarme. Prodúcese unha forte rifa entre o cocheiro e o monxe.

Chego a París. O coche para nunha pequena rúa, ante unha porta estreita que se abría nun pasadizo escuro e sucio. A dona da casa vén a xunto de min e instálame no piso máis alto, nun cuartiño onde apenas encontro os mobles necesarios. Recibo visitas da muller que ocupa o primeiro piso.

—Sodes moza; seguro que vos aburrides. Señorita, baixade á miña casa; encontraredes boa compañía de homes e mulleres, nin todas igual de amables pero case tan novas coma vós. Falamos, xogamos, cantamos, bailamos; reunímonos con todo tipo de entretementos. Se lles facedes perder a cabeza a todos os nosos cabaleiros, xúrovos que as nosas damas non estarán nin celosas nin enfadadas. Veña, señorita...

A que así me falaba é dunha certa idade. Tiña a mirada tenra, a voz doce e a palabra insinuante.

Paso quince días nesa casa, exposta a todas as circunstancias do meu pérfido raptor e a todas as escenas tumultuosas dun lugar sospeitoso, espiando a cada instante a ocasión de escapar.

Por fin, un día encontreina; era noite avanzada. Se estivese preto do convento volvería. Corro sen saber a onde vou. Fun detida por uns homes; apoderouse de min o terror e caín esvaecida de fatiga sobre o limiar dunha tenda de candeas. Acódenme. Cando volvo en min, encóntrome sobre un xergón, rodeada de varias persoas. Pregúntanme quen era; non sei qué respondín. Mándanme a serventa da casa para acompañarme. Agárrome ao seu brazo. Marchamos. Xa camiñaramos moito cando aquela rapaza me pregunta:

—Señorita, ¿sabedes a ónde imos?

—Non, miña filla, ao hospicio creo.

—¿Ao hospicio? ¿Estades fóra da casa?

—Ai!, si.

—¿Que fixestes, entón, para que vos botasen a esta hora? Estamos á porta de Sainte-Catherine; vexamos se podemos facer que nos abran; en todo caso, non teñades medo, non quedaredes na rúa, durmiredes comigo.

Volvín á casa do vendedor de candeas. Espanto da serventa cando ve as miñas pernas esfoladas a causa da caída cando saíra do convento. Pasei alí a noite. Ao día seguinte pola tarde, volvo a Sainte-Catherine. Fiquei alí tres días ao cabo dos cales, dinme que ou me teñen que levar ao hospicio xeral ou teño que aceptar o primeiro emprego que apareza.

Perigo que corrín en Sainte-Catherine por parte dos homes e das mulleres; pois é alí, segundo me dixeron despois, onde os libertinos e as matronas da vila van proverse. A demora da miseria non lles dá ningunha forza ás groseiras seduccións ás que estiven exposta. Vendín os meus vestidos e escollín outros máis conformes co meu estado.

Entrei ao servizo dunha lavandeira, na casa da que estou actualmente. Repaso a roupa e pásolle o ferro. A miña xornada é pesada, estou mal alimentada, mal aloxada, durmo mal; pero, en compensación, trátanme con humanidade. O marido é cocheiro de praza; a súa muller é un pouco brusca pero polo demais boa. Estaría conforme coa miña sorte se puidese esperar gozar dela apraciblemente.

Oín que a policía atrapara o meu raptor e que o puxera nas mans dos seus superiores. ¡Pobre home!, é máis digno de mágoa ca min. O seu atentado provocou un escándalo, e non vos imaxinades a crueldade coa que os relixiosos castigan as faltas escandalosas. Un cárcere será a súa morada para o resto da vida; e ese é o destino que me espera se me volven coller; pero el vivirá máis tempo ca min.

A dor da miña caída faise notar. As miñas pernas están inchadas e non podería dar un paso. Traballo sentada, pois custaríame terme de pé. Non obstante, temo o momento da miña curación; daquela, ¿que pretexto terei para non saír e a que perigo me exporei, amosándome? Felizmente, aínda teño tempo.

Os meus parentes, que non dubidan de que estou en París, están facendo, con toda seguridade, todas as pescudas imaxinables. Eu decidira chamar ao señor Manouri á miña bufarda, oír e seguir os seus consellos pero xa non está.

Vivo nunha continua alarma. Ao menor ruído que oio na casa, na escaleira, na rúa, domíname o espanto, tremo coma unha folla, os meus xeonllos néganme o apoio e o labor cáeme das mans.

Paso case todas as noites sen pechar ollo; se durmo, é cun sono interrompido; falo; grito; non entendo como os que me rodean aínda non me descubriron.

Parece que a miña evasión é pública. Así o esperaba. Unha das miñas compañeiras falábame diso onte engadíndolle odiosas connotacións e as reflexións máis desconsoladoras. Por fortuna, estaba estendendo nas cordas a roupa mollada, coas costas viradas contra a lámpada e a miña turbación non podía ser percibida. Aínda así, a miña ama, ao notar que estaba chorando, dime:

—Marie, ¿que vos pasa?

—Nada –respondinlle.

—¿É que –engadiu–, ¿seriades tan parva como para vos apiadar dunha mala relixiosa sen costumes, sen relixión e que se encariña cun ruín monxe co que escapa do convento? Tedes que ser moi compasiva. Só tiña que beber, comer, rogar a Deus e durmir; estaba ben onde estaba, ¿por que non se deixou estar? Se estivera tres ou catro veces no río co tempo que vai, acomodaríase ao seu estado...

A isto respondinlle que só se coñecían ben as penas propias. Actuaría mellor calando, pois ela non engadiría:

—Veña, é unha tunante que será castigada por Deus...

Ante estas palabras, inclineime sobre a mesa e permanecín así ata que a miña ama me dixo:

—Pero, Marie, ¿en que pensades? Mentres durmides, o labor non avanza.

Nunca sentín atracción polo claustro, a miña decisión así o demostra, pero acostumeime na relixión a certas prácticas que repito maquinalmente; por exemplo, ¿ acaba de soar unha campá? ou fago o sinal da cruz ou axeónllome. ¿Chaman á porta? digo Ave. ¿Pregúntanme algo? sempre digo unha resposta que acaba por si ou non, querida madre, ou miña irmá. Se chega un estraño, os meus brazos crúzanse sobre o peito e en vez de facer a reverencia, inclínome. As miñas compañeiras botan a rir e cren que me divirto arremedando unha relixiosa, pero é imposible que sigan enganadas moito tempo; os meus descoidos delataranme e estarei perdida.

Señor, apurádevos a socorrerme. Dirédesme, sen dúbida:

—Dicídeme qué podo facer por vós.

Isto: a miña ambición non é grande, necesito un posto de doncela ou de ama de chaves ou mesmo de simple criada, con tal de vivir ignorada no campo, no interior dunha rexión, na casa de xente honesta que non reciba moitas visitas. As condicións non importan. Seguridade, repouso, pan e auga. Estade seguro de que estará satisfeita do meu traballo. Aprendín na casa do meu pai a traballar e no convento a obedecer. Son nova. Teño o carácter moi doce. Cando as miñas pernas estean curadas, terei máis forza da necesaria para soportar o traballo. Sei coser, fiar, bordar e lavar. Cando estaba no mundo, axeitaba eu mesma os encaixes e logo poderei facelo outra vez. Non son torpe en nada e podería baixarme a todo. Teño boa voz, sei música e toco bastante ben o clavecín para entreter a calquera nai que teña gusto pola música; incluso podería darlles clase aos nenos aínda que temería ser traizoada por esas marcas dunha educación refinada. Se tivese que aprender a peitear, teño bo gusto, tomarei un mestre e non tardarei en adquirir ese talento. Señor, un emprego soportable, se pode ser, ou un emprego sen máis, é todo o que preciso e non desexo nada máis. Podedes responder polos meus costumes; a pesar das aparencias, téñoos. Incluso son piadosa. ¡Ai!, señor, todos os meus males acabarían e non tería nada máis que temer dos homes, se Deus non me detivese. ¡Cantas veces visitei aquel pozo fondo situado no cabo do xardín do convento! Se non me precipitei nel foi porque me deixaban toda a liberdade. Ignoro cal é o destino que me está reservado, pero se teño que volver entrar un día nun convento, sexa cal sexa, non respondo de nada. Hai pozos por todas partes. Señor, tede piedade de min e non vos procuredes a vós mesmo longos pesares.

Post. scpt. Estou chea de fatigas, rodéame o terror, e o descanso foxe de min. Acabo de ler con calma estas memorias, que escribín de présa, e deime conta de que, sen ter o menor proxecto, amoseime en cada liña tan desgraciada como o son en realidade pero moito máis amable do que son. ¿Será que cremos os homes menos sensibles á descrición das nosas penas que á imaxe dos nosos encantos, e cremos que temos máis facilidade para seducilos que para conmovelos? Coñézoos moi pouco e non me estudiei bastante como para sabelo. Non obstante, se o marqués, a quen se lle atribúe o tacto máis delicado, se decatase de que non é á súa beneficencia senón ao seu vicio a quen me dirixo, ¿que pensaría de min? Esta reflexión desacóugame. A verdade é que non tería razón de me imputar persoalmente un instinto propio de todo o meu sexo. Son unha muller, quizais un pouco coqueta, ¿que sei eu?, pero é con naturalidade e sen artificio.

FIN