Le Proverbe no orixinal francés e incluído no libro de relatos Le Passe-Muraille, Éditions Gallimard, 1943
|
Coa luz da lámpada que iluminaba a cociña, o Sr. Jacotin podía ver a toda a súa familia debruzada enriba da comida. E a familia deixaba ver con claridade que lle tiña medo ó humor do patrón por medio de olladas abraiadas. O Sr. Jacotin era moi consciente de que se sacrificaba e de que se abnegaba pola familia, preocupándose de contino pola xustiza doméstica, o que o convertía nun home inxusto e tiránico, e as súas manifestacións de home sanguíneo, sempre imprevisibles, mantiñan no seu fogar unha atmosfera coercitiva que o poñía de mal xorne. Soubera pola tarde que estaba proposto para a condecoración da palma académica e estábase reservando para informar ós seus cara á fin da cea. Despois de beber un vaso de viño por enriba do seu último bocado de queixo, ía toma-la palabra, pero pareceulle que o ambiente non estaba tal e como o desexaba para acolle-la feliz noticia. Percorreu lentamente coa mirada toda a mesa, parando primeiro na súa dona, muller de aspecto cativo, cara triste e medorenta que o deixaba quedar tan mal diante dos seus colegas. Logo, pousou a vista na tía Julie que se instalara no fogar facendo vale-la súa avanzada idade e varias enfermidades mortais e, en sete anos, de seguro que xa lle custara máis cartos cós que lle habían de corresponder polo herdo que agardaba. De seguido, tocóulle-la vez ás súas fillas, de dezaseis e dezasete anos, empregadas nunha tenda na que gañaban cincocentos francos ó mes, e que, sen embargo, vestían coma princesas: reloxos de pulseira, agullas de ouro para o escote dos traxes; e por enriba tiñan uns aires... Era como para preguntarse de onde lles saían os cartos e sorprenderse. De repente, o Sr. Jacotin tivo a atroz sensación de que lle estaban roubando a súa fortuna, de que lle estaban comendo o producto dos seus traballos e de que el era ridiculamente bo. O viño subíuselle á cabeza e púxolle en chamas a ancha cara, que en estado normal xa era bastante encarnada de seu. Atopábase nesta disposición de ánimo cando baixou a mirada sobre o seu fillo Lucien, un rapaz de trece anos que, desde o comezo da cea, se esforzaba por pasar desapercibido. O pai entreviu algo sospeitoso na palidez da cariña do rapaz. O neno non erguera os ollos, pero, sentíndose observado, retorcía coas mans un pregue do seu mandilón negro de escolar. —¿ Seica o queres rachar ou que? –chantoulle o pai cunha voz que xa prometía–. ¿Queres acabar por rachalo? Lucien soltou o mandilón, pousou as mans enriba da mesa e inclinou a cabeza sobre o prato sen ousar busca-lo reconforto dunha mirada nas súas irmás e completamente abandonado á desgracia que o ameazaba. —Estouche falando, contesta. Coido que me poderías responder. Pero sospeito que non debes te-la conciencia moi tranquila. Lucien dixo que non cun xesto de pavor. El non pensara , en ningún caso, desvia-las sospeitas, pero sabía que o pai quedaría decepcionado se non atopaba o terror nos seus ollos. —Non ho non, estou por asegurar que non te-la conciencia tranquila. ¿Hasme dici-lo que fixeches esta tarde? —Hoxe pola tarde, pois..., estiven con Pichon. Dixérame que pasaría buscarme ás dúas. Cando saïamos de aquí, atopámonos con Chapusot que ía facer uns recados. Primeiro estivemos no médico por causa dun tío seu que está doente. Había dous días que sentía dores pola parte do fígado... Mais o pai comprendeu que o quería confundir coa anécdota e cortouno en seco: —Pois non te metas co fígado dos demais. Non vexo que te preocupes tanto cando son eu o que está doente. A ver, cóntame onde estiveches pola mañá. —Fun ver con Fourmont a casa que ardeu o outro día na avenida Poincaré. —Así, polos boas, ¿andaches por aí todo o día?, ¿da mañá á noite? E seguramente, como andaches todo o xoves a te divertir supoño que xa fixéche-los deberes. —O pai pronunciara estas últimas palabras nun ton meloso que cortaba a respiración. —¿Os deberes? –murmurou Lucien. —Os deberes, si. —Estiven traballando onte pola tarde despois de volver da escola. —Non che pregunto se traballaches onte, estouche preguntando se fixéche-los deberes para mañá. Todos sentían madurece-lo drama e querían afastarse del, mais a experiencia dicíalles que calquera intervención en tal circunstancia non podía máis que estraga-las cousas e trocar en carraxe o mal humor deste home violento. Para non tomar partido, as dúas irmás simulaban segui-lo asunto dun xeito distraído, mentres que a nai, preferindo non asistir de moi preto a unha escena penosa, fuxía cara a un armario. O propio Sr. Jacotin, a piques de anoxarse seriamente, aínda dubidaba en enterra-la noticia da palma académica. Pero a tía Julie, movida por xenerosos sentimentos, non puido conte-la lingua. —Pobriño, sempre anda detrás del. Non lle está dicindo que estivo traballando onte pola tarde. O rapaciño tamén se ten que divertir. O Sr. Jacotin, aldraxado, retrucou arrogante : —Pregaríalle que non lles puxese trabas ós meus esforzos por educa-lo meu fillo. Son seu pai, actúo como tal e quero dirixilo segundo as miñas propias ideas. Cando vostede teña fillos é libre de darlles tódolos caprichos. A tía Julie, que tiña setenta e tres anos, pensou que quizais estaba sendo irónico por falarlle dos fillos que estaban por chegar. Ofendida, saíu da cociña. Lucien seguiuna cunha mirada emocionada e viuna un intre, na penumbra do comedor resplandecente de limpeza, buscando ás tentas o conmutador da luz. Cando pechou a porta, o Sr. Jacotin puxo a toda a familia como testemuña de que non había nada que xustificase tal plante e queixouse da perfidia que supoñía poñelo nunha situación que o facía pasar por un mal educado. Nin as fillas, que se puxeran a quita-la mesa, nin a súa muller puideron aprobalo, o que quizais traería certa distensión. O seu silencio foi un nova aldraxe. Adoecido, volveuse outra vez cara a Lucien : —Estou agardando pola túa resposta, oíches. ¿Fixéche-los deberes, si ou non? Lucien comprendeu que non gañaría nada retardando os acontecementos e botoulle valor. —Aínda non fixen os deberes de francés. Unha luz de gratitude pasou por diante dos ollos do pai. Sentía pracer atacando no rapaciño. —¿ E por que, se che parece ? Lucien ergueu os ombreiros en sinal de ignorancia e mesmo de asombro, coma se fose unha pregunta inesperada. —Eu moeríao a paos, murmurou o pai devorándoo coa mirada. —Durante un intre permaneceu en silencio, considerando o grao de abxección ó que descendera este seu fillo ingrato que, sen ningunha razón confesable e aparentemente sen remorsos, deixaba sen face-los deberes de francés. —Pois vén sendo o que eu pensaba –dixo o pai, e a súa voz ía subindo canda o ton do discurso–. Non só continúas, senón que perseveras. Resulta que o profesor hai unha semana que che encargou un traballo de francés e que tes que entregar mañá. Iso significa que tiñas oito días e resulta que non atopaches tempo para facelo. E se eu non dixese nada pensabas ir á escola sen el feito. Pero o peor é que estiveches todo o día de hoxe, xoves, lacazaneando e facendo o lerchán por aí. ¿E con quen? Cun tal Pichon, un tal Fourmont, outro tal Chapusot, os últimos da clase e uns langráns. Uns langráns coma ti. Cada animal fólgase co seu igual. De seguro que non se che ocorrería divertirte con Béruchard. Aínda habías de considerar unha deshonra ires xogar cun bo alumno. Claro que Béruchard non había querer ir contigo, estou seguro de que non se divirte. Dígoche máis, estou seguro de que non se divirte nunca. E iso a ti non che interesa. Béruchard traballa. O resultado é que el está entre os primeiros. A semana pasada, sen ir máis lonxe, estaba tres asentos por diante túa. Has pensar que isto é moi agradable para min que teño que estar todo o día na oficina co seu pai. Un home, con todo, de menos notoriedade ca min. ¿Quen é ese Béruchard? Béruchard pai, digo. Home, se se quere é un home traballador, pero fáltalle talento. E no tocante ás ideas políticas é coma no traballo. Nunca tivo ideoloxía. E Béruchard sábeo ben. Cando se fala disto ou daquilo diante miña, atópase incómodo. O cal non impide que cando me vén falar do seu rapaz, que sempre é o primeiro da clase, é el o que saca vantaxe. Atópome, xa que logo, nunha mala situación. Eu non teño a sorte de ter un fillo coma Béruchard. Un fillo que é o primeiro en francés e o primeiro en cálculo. Un fillo que arrampla con tódolos premios. ¡Lucien, fai o favor de deixar tranquilo o aro do pano! Non che tolero eses modos diante miña. ¿Estasme oíndo o que che digo ou non? ¿Ou queres unhas boas labazadas para aprenderes quen é teu pai? ¡Preguiceiro, lacazán, inútil! ¡Un traballo de francés que che entregaron hai oito días! Non me dirás que se tiveses dó de min ou se pensases nos sacrificios que fago por ti, que se había producir unha cousa coma esta. Non, Lucien, non, non sabes recoñecelo. Porque se o soubeses, habías de face-los deberes. Co que eu teño que suar no traballo. E os problemas e as preocupacións, polo presente e polo futuro. Cando teña a idade de parar de traballar, non terei ninguén que me dea de comer. Máis vale contar con un mesmo que cos demais. Nunca pedín un peso. Endexamais fun onda un veciño para saír adiante. O meu pai non me deixou estudiar. Cando tiña doce anos xa fun de aprendiz. Tirar do carro co tempo que fose. En inverno, coas xeadas, no verán, coa camisa pegada ás costas. E ti veña, aí chas dean todas. Tes sorte de ter un pai bo. Pero isto non vai durar. Cada vez que o penso. Os deberes de francés.¡Folgazán, langrán! Canto máis bo, máis feble. E eu que pensaba levarvos o próximo mércores a ver actuar Les Burgraves. Non sospeitaba o que me agardaba ó volver para a casa. Cando falto eu, seguro que isto é a anarquía total. Por iso están os deberes sen facer e no resto da casa ocorrerá algo polo estilo. E, por enriba, foise escolle-lo día... O pai parou por un momento. Baixou a vista nun impulso delicado de pudor e de modestia. —O día que me anuncian que estou proposto para a condecoración da palma académica. Si, velaí o día que se escolle. Agardou durante algúns segundos por ve-lo efecto das súas últimas palabras. Mais, a penas ceibes da longa apóstrofe, parecía que non foran comprendidas. Todos as oíran, coma o resto do discurso, sen chegaren a capta-lo sentido das mesmas. Unicamente a Sra. Jacotin tivo a impresión de que se lle escapara algo importante, ela sabía que o seu home esperaba desde había dous anos a recompensa polos servicios prestados desinteresadamente como tesoureiro na sociedade local de solfexo e de filharmonía. A palabra "palma académica" sooulle a algo estraño pero familiar, e tivo unha visión na que aparecía o seu home coa pucha de músico honorario sentado a carranchapernas na palma máis alta dun coco. O temor por non prestar atención fíxolle ve-lo sentido desta ficción poética e comezou por abri-la boca e prepararse para manifestar unha ledicia diferente. Era demasiado tarde. O Sr. Jacotin, que acedamente se deleitaba na indiferencia dos seus, temeu que unha palabra da súa muller viñese amolece-la inxuria dese pesado silencio e apurou en chamarlle a atención. —Sigamos –dixo cun riso retranqueiro–. Dicía que tiveras oito días para face-los deberes de francés. Si señor, oito días. Mira ti, gustaríame saber cando os faría Béruchard. Estou por dicir que non agardou oito días, nin seis, nin cinco. Nin tres nin dous. Béruchard seguro que os fixo o día seguinte. ¿E quererás dicirme en que consisten? Lucien, que non escoitaba, deixou pasa-lo tempo que tiña para responder. Seu pai mandoulle contestar cunha voz que pasou tres portas e foi atinxi-la tía Julie no seu cuarto. En camisa de durmir e coa cara desencaixada, foise informar. —¿Que pasa? ¿A ver, que lle está facendo ó neno? A ver, dígame. A desgracia quixo que nese momento a mente do Sr. Jacotin estivese dominada pola súa condecoración. Por iso lle fallou a paciencia. Normalmente, cando se atopaba no cume do alporizamento, expresábase nunha linguaxe decente. Mais o ton da anciá, recollida na súa casa por un mal cálculo de caridade, que se dirixía con aquel atrevemento a un home que estaba nunha boa posición para ser condecorado, pareceulle unha provocación que lindaba na insolencia. —A vostede –respondeulle– vouna mandar á merda. A tía abriu a boca, espantada e sen dar creto ó que oía, e como el seguía insistindo no feito de mandala á merda, caeu desmaiada. Producíronse berros de pánico na cociña, un longo balbordo de drama con rebumbio de cazos, pratos e frascos. As irmás de Lucien e maila súa nai afanábanse preto da doente con palabras de compaixón e reconforto, que atinxían cruelmente ó Sr. Jacotin. Elas evitaban miralo, pero cando por casualidade as súas caras viraban cara el recibía unha dura mirada. Sentíase culpable e, doéndose da vella célibe, lamentaba sinceramente o exceso verbal polo que se deixara levar. Gustaríalle facerse perdoar, pero a reprobación que o rodeaba tan ostentosamente reforzaba o seu orgullo. Mentres levaban a tía Julie ó seu cuarto, dixo en voz alta e clara: —Por terceira vez, quero que me digas en qué consisten os teus deberes de francés. —É unha redacción –dixo Lucien–. Teño que explica-lo significado do proverbio: "De nada serve correr se non se está preparado para a carreira". —¿E que? Non vexo que é o que che impide explicalo. Lucien respondeu abaneando a cabeza, mais a súa cara mostrábase reticente. —Sexa o que for, lisca busca-los cadernos e ponte a traballar. Quero ve-los deberes rematados. Lucien foi busca-la súa carteira, que estaba tirada nunha esquina da cociña, sacou un caderno e escribiu na cabeceira dunha páxina en branco: De nada serve correr se non se está preparado para a carreira. Por moi a modo que escribise non precisaba os cinco minutos que botou en facelo. Púxose logo a chupar no portaplumas e observou o proverbio cunha cara hostil e turrona. —Vexo que non lle botas moitas ganas –dixo pai–. Ó teu aire. Eu non teño présa. Botaremos toda a noite se fai falta. De feito, colocouse para agardar comodamente. Lucien, erguendo os ollos, percibiu nel un aire de quietude que o desesperou. Intentou meditar no seu proverbio: "De nada serve correr se non se está preparado para a carreira". Para el era tan evidente que non requiría ningunha demostración, e poñíase a pensar con desgusto na fábula de La Fontaine: "A lebre e a tartaruga". Nestas, as súas irmás, despois de deita-la tía Julie, comezaron a coloca-la vaixela no armario e, aínda que procuraban non facer moito barullo, producían uns ruídos que amolaban ó Sr. Jacotin, porque lle parecía que se lle estaba ofrecendo ó alumno unha boa escusa para non facer nada. De socato, houbo un tremendo balbordo. A nai acababa de deixar caer unha pota de ferro que rebotou no vertedoiro. —¡Por favor! –roñou o pai–. Isto é exasperante. ¿Como queredes que traballe con esta feira? Deixádenos tranquilos e saíde de aquí. A frega rematou. Ide para a cama. As mulleres abandonaron a cociña ó momento. Lucien sentiuse entregado á vontade do pai e da noite, e, pensando na morte á alba, rompeu a chorar. —¡Ai estámosche bos! –díxolle o pai–. ¡Veña burro! –A voz seguía a ser ruda, mais cun ton de compaixón, porque o Sr. Jacotin, aínda avergoñado polo drama que acababa de provocar, desexaba corrixi-la súa conducta mostrando certa mansedume co seu fillo. Lucien percibiu o matiz, entenreceuse e chorou con máis forza. Unha bágoa caeu enriba do caderno. Emocionado, o pai rodeou a mesa arrastrando unha cadeira e foi sentar a carón do rapaz. —Veña, faime o favor de colle-lo pano e que morra o conto. Á túa idade deberías saber que se che rifo é polo teu ben. Máis adiante has dicir: "Que razón tiña". Para un fillo non hai nada mellor ca un pai que sabe ser esixente. Dicíame isto mesmo onte Béruchard. El ten por costume mallar no seu. Unhas veces, cunhas labazadas ou unha patada alí onde a columna perde o seu nome, outras, coa tralla ou a xostra. E a el dálle bo resultado. Seguro que o seu fillo anda dereito e ha de chegar lonxe. Pero eu non sería quen de bater nun fillo, aínda que de vez en cando... Cada un coas súas ideas. Iso era o que eu lle dicía a Béruchard. Coido que é mellor razoar co rapaz. Serenado polas boas palabras, Lucien parou de chorar e o seu pai comezou a inquietarse. —Non vaias pensar que porque che falo coma a un home che estou dando mostras de debilidade. —Non, non –respondeu Lucien "expresando" unha fonda convicción. Xa tranquilo, o Sr. Jacotin tivo unha mirada de bondade para o fillo. Logo, considerando por unha banda o proverbio e pola outra o apuro do seu fillo, coidou que se podería mostrar xeneroso facendo pouco gasto e dixo con bonhomía: —Estou vendo que como eu non poña mans á obra aínda habemos de estar aquí ata as catro da mañá. Veña, a traballar. Daquela, se dicimos: "De nada serve correr se non se está preparado para a carreira". Vexamos "De nada serve correr"... De repente, o tema da redacción de francés pareceulle ridículo a forza de ser fácil. Agora que asumira responsabilidade, víao con outros ollos. Con cara de preocupación, releu varias veces o proverbio e murmurou : —É un proverbio. —É –aprobou Lucien, que agardaba pola continuación cunha anovada seguridade. Tanta acalmada confianza alterou o corazón do Sr. Jacotin. Púxoo nervioso pensar que o seu prestixio de pai estaba en xogo . —¿Cando vos encargou este traballo o mestre non vos dixo nada? —Dixo: sobre todo, evitade resumir "A lebre e a tartaruga". Sodes vós os que tedes que atopar un exemplo. Iso foi o que dixo. —Pois si, leva razón –dixo o pai–. "A lebre e a tartaruga" é un bo exemplo. Non pensara eu niso. —Si, pero prohibíunolo. —Prohibido, prohibido, pois claro. E daquela, se todo está prohibido... Coa cara un pouco conxestionada, o Sr. Jacotin buscou unha idea ou polo menos unha frase que significase o despegue. Notaba como a súa creatividade se lle amosaba remisa. Púxose a cavilar no proverbio cun sentimento de temor e de odio. Pouco a pouco, a súa mirada ía collendo a mesma expresión de enfado que había pouco tiña a de Lucien. Por fin, tivo unha idea: partiría dun titular do xornal, "A carreira de armamentos", que lera esa mesma mañá. O desenvolvemento cadráballe ben: unha nación prepárase para a guerra desde hai tempo fabricando canóns, tanques, metralletas e avións. A nación veciña disponse sen présas, de xeito que non está preparada de todo cando se declara a guerra e esfórzase en van por gaña-lo tempo perdido. Con isto tiña todo o material necesario para realizar unha excelente redacción. A cara do Sr. Jacotin, que se iluminara durante un momento, escureceuse de golpe. Pensou que a súa relixión política non lle permitiría elixir un exemplo tan tendencioso. El era demasiado honesto como para humilla-las propias ideas, pero con todo era unha pena. Malia a firmeza das súas opinións, afloroulle o remorso por non estar afiliado a un partido reaccionario, o que lle permitiría explota-la idea coa aprobación da súa conciencia. Volveu sentar pensando na súa condecoración académica, mais con moita morriña. Lucien agardaba sen inquedanza o resultado da tal meditación. Considerábase liberado da preocupación por explica-lo proverbio e nin tan sequera pensaba nel. Pero co silencio, que se eternizaba, o tempo facíaselle máis longo. Os ollos pesábanlle, deixou oír varios bocexos prolongados. O seu pai, coa cara crispada polo esforzo da pescuda, tomounos coma se fosen un reproche e isto fixo que aumentase a seu nerviosismo. Por moito que remoese no seu siso non atoparía nada. A carreira de armamentos amolábao. Parecía coma se estivese soldada ó proverbio e os esforzos que realizaba por esquecela facían que se concentrase máis nela. De cando en vez botáballe unha ansiosa ollada de esguello ó fillo. Cando xa cría que non ía dar máis de si e se preparaba para confesa-la súa impotencia, ocorréuselle outra idea. Esta presentábase como unha transposición da carreira de armamentos, unha vez que conseguira afasta-la obsesión da mesma. Tamén se trataba dunha competición, agora deportiva, na que se preparaban dous equipos de remeiros, un deles metodicamente e o outro dun xeito neglixente. —Veña –ordenou o Sr. Jacotin–, escribe. Lucien estaba medio durmido, volveu en si e colleu a pluma. —¿Seica estabas a durmir? —Non, non. Estaba pensando. Estaba pensando no proverbio. Pero non atopei nada. —O pai sorriu indulxente, logo quedou mirando en fite e, lentamente, comezou a dictar : —Nunha espléndida tarde dun domingo de verán, coma, ¿Que son aqueles bonitos obxectos verdes con forma alongada, coma, que sorprenden a nosa mirada? Desde lonxe poderíase dicir que están provistos de brazos longos, pero estes brazos son remos e os obxectos verdes son traíñas de carreiras que se abanean dondamente á vontade das ondas do Marne. Lucien, pillado por unha incerta ansiedade, ousou ergue-la cabeza e mirar con cara de estupefacción. Pero o seu pai non o vía porque estaba demasiado preocupado por pulir unha frase de transición que lle ía permitir presenta-los equipos rivais. Coa boca entreaberta e os ollos medio pechados, vixiaba ós seus remeiros e reuníaos no campo do seu pensamento. Botou a man cara a adiante, ás tentas, para colle-la pluma do fillo. —Trae para aquí. Vouno escribir eu. É máis cómodo ca dictar. O home estaba axitado e púxose a escribir de maneira ampulosa. As ideas e as palabras fluíanlle con facilidade, nunha orde cómoda e exultante, que o levaban cara ó lirismo. Sentíase rico, dono dun eido magnífico e florido. Lucien viu por un intre como a pluma inspirada corría polo seu caderno, non sen un aquel de aprehensión, e acabou por durmir enriba da mesa. Ás once, seu pai espertouno e púxolle diante o caderno. —E agora vasme copiar isto a modiño. Vou agardar que remates para relelo. E, sobre todo, procura puntuar ben. —É tarde –observou Lucien–. ¿ Non sería mellor que me erguese cedo mañá pola mañá? —Diso nada. "Hai que bater no ferro mentres está quente". Mira ti, outro proverbio. O Sr. Jacotin sorriu fachendoso e engadiu: —Este proverbio tampouco me resultaría difícil explicalo. Se tivese tempo, non sería preciso que se me insistise moito. É un tema ben bonito. Un tema co que sería capaz de escribir doce páxinas. ¿Entenderalo ben polo menos? —¿Si ou non? —Estouche preguntando se enténde-lo proverbio "Hai que bater no ferro mentres está quente". Lucien, angustiado, estivo a piques de ceder ante o desánimo. Sentouse ben e respondeu con estraña dozura: —Si, papá. Enténdoo ben. Pero teño que pasar a limpo a redacción. —Pois ala, copia –dixo o Sr. Jacotin cun ton que traizoaba o seu desprezo por algunhas actividades de orde subalterna. Unha semana máis tarde, o profesor devolvía as redaccións, corrixidas. —En xeral –dixo–, non estou moi satisfeito. Agás Béruchard ó que lle puxen un trece, e outros cinco ou seis pasables soamente, vostedes non comprenderon en que consistía o traballo. Explicóulle-lo que deberan facer. Logo, da morea de redaccións corrixidas con tinta vermella, escolleu tres e comezou a comentalas. A primeira era a de Béruchard, da que falou en termos eloxiosos. A terceira era a de Lucien. —Sr. Jacotin, ó le-la súa redacción quedei sorprendido pola súa maneira de escribir, unha maneira que non parece a habitual en vostede e de tan mal gusto que non dubidei en calcarlle un tres. Critiqueille moitas veces a secura das súas composicións, e téñolle que dicir que agora caeu vostede no defecto contrario. Atopou a maneira de encher seis páxinas liscando sempre polas ramas. Mais o que se me fixo en todo momento insoportable foi ese ton afectado que vostede creu que debía adoptar. O profesor falou polo miúdo e durante bastante tempo da redacción de Lucien, e logo púxoa como exemplo para os demais alumnos do que non había que facer endexamais. Leu en voz alta algunhas pasaxes que lle pareceron particularmente edificantes. Na clase houbo risiños, cacarexos e mesmo algúns sorrisos reprimidos. Lucien quedara moi pálido. Estaba ferido no seu amor propio e tamén no seu sentimento de piedade filial. Sen embargo, tíñalla gardada ó pai por dárlle-la ocasión ós demais de se burlaren del. Aínda que era un alumno mediocre, nin a súa neglixencia nin a súa ignorancia o expuxeran nunca a tal ridículo. Ora, tratándose dun traballo de francés, de latín ou de álxebra, mantiña, mesmo na súa insuficiencia, unha xusta proporción das formas e incluso da elegancia escolares. A noite en que pasara a limpo a composición do Sr. Jacotin, cos ollos avermellados polo sono, non se enganara na acollida que había de te-lo seu traballo. O día seguinte, máis esperto, mesmo dubidara en entregarllo ó profesor, sentindo con máis viveza o que aquel contiña de falso e discordante a respecto dos costumes da clase. Cando volveu da escola, ó mediodía, Lucien pensaba con xenreira nese movemento de confianza, por así dicilo relixiosa, que falara máis alto cá evidencia. ¿Por que se metera seu pai no medio para explica-lo proverbio? Seguramente, seu pai merecería a humillación de verse con un tres sobre vinte no seu traballo de francés. Con isto habíanlle de pasa-las ganas de explica-los proverbios. E por enriba, Béruchard sacara un trece. O pai había de ter problemas en repoñerse. Con iso había aprender. —A xantar –dixo o Sr. Jacotin, encantado e case rexoubeiro. Unha ledicia un tanto exultante animaba a súa mirada e os seus comentarios. Tivo a elegancia de non se-lo primeiro en face-la pregunta que lle estaba a queimar nos beizos e que o seu fillo agardaba. A atmosfera do xantar non era moi diferente á que había outros días. A ledicia do pai en lugar de facer que os comensais se sentisen a gusto, producía máis ben unha incomodidade engadida. A Sra. Jacotin e mailas súas fillas intentaban, en van, manter unha aparencia acorde co bo humor do xefe. A tía Julie viuse na obrigación de subliñar por medio dunha actitude arisca e unha cara de sorpresa ofendida todo o que o bo humor lle ofrecía de insólito á familia. O Sr. Jacotin tamén o percibiu, porque non tardou en apagarse. Daquela, dixo bruscamente. —¿E o proverbio? –a súa voz transmitía unha emoción producto da inquedanza e non da impaciencia. Nese momento, Lucien sentiu que podía facer desgraciado a seu pai. Agora mirábao cunha liberdade que lle poñía o personaxe á súa mercé. Chegaba a entender que, desde había moito tempo, o pobre home vivía coa certeza da súa infalibilidade de cabeza de familia e que, ó explica-lo proverbio, comprometera o principio desa mesma infalibilidade nunha aventura perigosa. Non só o tirano ía perde-la cara diante dos seus, senón que tamén perdería a consideración que el tiña de si mesmo. Sería o abismo, o afundimento. E na cociña, na mesa, fronte á tía Julie que sempre agardaba un desquite, ese drama que unha simple palabra podía desencadear era xa unha realidade estremecedora. Lucien quedou asustado pola febleza do pai, e o seu corazón amoleceu cun sentimento de piedade xenerosa. —¿Estás na lúa? Estouche preguntando se o profesor che devolveu o meu traballo –dixo o Sr. Jacotin. —¿O teu traballo? Si devolvéunolo. —¿E que nota sacamos? —Trece. —Non está mal. ¿E Béruchard? —Trece. —¿E a mellor nota foi? —Trece Ó pai iluminóuselle a cara. Volveuse cara á tía Julie cunha mirada insistente, coma se o trece da nota fose outorgado a pesar dela. Lucien baixara os ollos e miraba para si mesmo cun pracer emocionado. O Sr. Jacotin tocoulle ó ombreiro e díxolle con bondade: —Non ves, meu fillo, cando se ten un traballo nas mans o primeiro que cómpre facer é unha boa reflexión e xa se ten case todo feito. Entender un traballo é telo feito case nas súas tres cuartas partes. Velaí xustamente o que eu quería que che entrase na cachola dunha vez por todas. E heino de conseguir. Botarei todo o tempo que faga falta. Polo demais, a partir deste momento e de agora en diante, tódolos deberes que teñas de francés habémolos facer os dous xuntos.
|