|
O sabre estaba na esquina da estancia. Tocado polos raios do sol, a súa resplandecente folla de aceiro brillaba con purpúrea luz. Con xesto orgulloso percorreu o cuarto coa ollada, para comprobar que todo alí se deleitaba coa súa contemplación. ¿Todo?... ¡non! Alí, ociosa, apoiada nun tinteiro descansaba a pluma sen a mínima intención de inclinarse para admira-la escintilante maxestade daquela arma. Aquilo enfureceu ó sabre que deu en falar así: ¿Quen te cres, miudalla insignificante, para non me admirar e inclinarte ante o meu fulgor, coma o resto? ¡Mira ó teu arredor! Tódolos obxectos, na súa reverencia, están envoltos na máis profunda escuridade. Eu, e só eu, son o elixido do resplandecente sol, que deleitoso me dá vida cos seus fermosos bicos ardentes, e que eu recompenso irradiando a súa luz multiplicada. Só os príncipes poderosos son dignos de camiñar con paso solemne envoltos en radiantes capas. O sol sabe do meu poder, e por iso deixa cae-la púrpura real dos seus raios polos meus ombros. A axuizada pluma replicou sorrindo: ¡Que orgulloso e fachendoso es, e como presumes do teu brillo emprestado, e sen embargo, ¡mira ti!, se reflexionas un chisco verás que somos parentes ben achegados! Os dous nacemos da preocupada terra; se cadra, no noso estado orixinario atopabámonos ó pé un do outro na mesma montaña... miles de anos, ata que o humano no seu dilixente empeño descubriu a veta do proveitoso mineral do que eramos parte. Fillos aínda bastos da natureza, os dous tiñamos que ser convertidos, sobre a calor do fumegante fogón e baixo os golpes poderosos do martelo, en membros proveitosos da actividade terrestre. E así foi. Ti convertícheste en sabre, eu en pluma, a ti déronche unha punta grande e rexa, e eu fun agraciada cunha fina e delicada. Para facermos ben o noso traballo, os dous temos que mollar primeiro a brillante punta... ti en sangue, eu só en tinta. Este discurso erudito que acabas de botar - irrompeu agora o sabre- , dáme risa. É coma se un rato, ese pequeno e insignificante animal, intentase proba-lo seu parentesco co elefante. ¡Diría exactamente o mesmo ca ti! Porque tamén ten catro patas, coma o elefante, e mesmo unha cola da que presumir. ¡Así que, case se podería dicir que son cando menos curmáns! Querida pluma, ti acabas de nomear, de forma ben intelixente e calculadora, só aquilo que nos iguala, mais agora heiche contar eu o que nos diferencia. Eu, sabre brillante e orgulloso, vou cinguido á cintura dun valente e nobre cabaleiro, mentres que a ti, a ti colócate un vello escribente detrás da súa grande orella de asno. A min, a min agárrame o meu señor con poderosa man e lévame ata as filas dos inimigos; e eu guíoo a través delas. A ti, miña boa amiga, a ti diríxete a man tremoieira do teu vello mestre polo pergameo amarelecido. Eu causo estragos entre os inimigos, salto con ousadía e coraxe de aquí para alí; ti esgaduñas no pergameo en eterna monotonía, e non ousas saír nin un chisco do camiño que con coidado che marca a man guieira. E á fin, á fin, cando as forzas me abandonen, cando sexa vello e feble, serei honrado, como corresponde ós heroes, e colocado na sala dos antecesores para que todos me contemplen e me admiren. Mais ¿que é o que che fan a ti? Se o teu amo non está contento contigo, se te fas vella e empezas a arrastrarte polo papel con trazos grosos, entón agárrate, arríncache o cano que che facía de soporte e bótate ó lixo, se non se apiada de ti e te vende a un feirante por unha cadela xunto cun par das túas irmás. Pode ser que nalgunhas cousas teñas razón - respondeu a pluma moi seria- . É certo que con frecuencia se me infravalora, e é igualmente certo que cando xa non vallo se me trata con crueldade. Pero non por iso é menor o poder do que dispoño mentres estou en condicións de traballar. ¡Fagamos unha aposta! ¿Queres apostar comigo? - preguntou, morto de risa, o presuntuoso sabre. Se é que te atreves a aceptar. Que se eu acepto replicou o sabre, que non podía parar de rir. ¿E que apostamos? A pluma colocouse ben, púxose moi seria e dixo: Apóstoche a que son quen de impedir que fága-lo teu traballo, ir loitar, cando eu queira. ¡Ei, ei! ¡Seica somos destemidos! ¿Paréceche ben? Acepto. Ben - dixo a pluma- , pois xa se verá. Poucos minutos pasaran dende que fixeran a aposta, cando entrou pola porta un mancebo, vestido con fina indumentaria de batalla, que agarrou o sabre e colocouno no cinto. Seguidamente, contemplou con satisfacción a relucente folla. Fóra resoou aguda a chamada das trompetas e o balbordo dos tambores... era a hora da batalla. No momento en que o rapaz se dispoñía a deixa-la estancia, entrou pola porta outro home que, xulgando polas valiosas xoias que levaba, debía ocupar un posto alto. O mancebo fixo unha longa reverencia. Namentres, o dignitario achegárase á mesa, collera a pluma e escribira algo a toda présa. O acordo de paz xa está firmado - dixo sorrindo. O máis novo volveu deixa-lo sabre na esquina, e os dous abandonaron o cuarto. Na mesa descansaba a pluma. Os raios do sol xogaban con ela, e o seu bronce aínda mollado escintilaba resplandecente. ¿Non vas loitar, querido sabre? - preguntou ela, sorrindo. Mais o sabre estaba dereito, calado, na esquina fusca. Penso que nunca máis se volveu gabar. |