Voltar

Halle, Adán de la

A peza de Berto e María

Traducción de Agustín Vilariño Martínez

 

A PEZA DE BERTO E MARÍA

PERSONAXES:

 

MarÍa: chamada tamén Maruxa, Maruxiña. Pastora, Amiga de Berto.

O Cabaleiro: o seu nome é Alberte.

Berto: pastor, amigo de María. Chamado tamén Roberto, Bertiño, Bertucho.

Goterre: alcumado O Teimudo, pastor, curmán de Berto.

Baudón: pastor, curmán de Berto.

Petronila: tamén chamada Petro, pastora, amiga de María.

Huarte: pastor, amigo de Berto.

María

Berto ámame, Berto tenme;Berto pediume, e terame.

Berto mercoume unha cota

de escarlata boa e fermosa,

unha almexíae un cinguidoiriño.

¡Ai trailalila!

Berto ámame, Berto tenme;

Berto pediume, e terame.

O Cabaleiro

Volvía eu do torneo,

e atopei soíña a Maruxa a do corpo fermoso.

María

¡Ei! Berto, se me amas,

por favor, lévame contigo.

O Cabaleiro

Pastora, ¡Déavos Deus bo día!

María

¡Deus vos garde, señor!

O Cabaleiro

Por amor, doce doncela, dicídeme entón por que cantades esta canción con tanto agarimo e tan a cotío:

¡Ei! Berto, se me amas,

por favor, lévame contigo.

María

Meu señor, hai un porqué: porque amo a Bertiño, e el a min, e demostroume ben que me quere: deume este zurrón, esta variña e esta navalla.

O Cabaleiro

Dime, ¿viches algún paxaro voar por riba destas leiras?

María

Señor, vin non sei cantos. Inda hai neses matos xílgaros e pimpíns que cantan moi ledamente.

O Cabaleiro

¡Que Deus me axude! Belida de corpo fermoso, non é eso o que pregunto. ¿Mais viches por aquí, cara ó río, algunha pata?

María

¿Dun animal que ornea? Vin tres onte por este camiño moi cargados ir ó muíño. ¿É o que me preguntabades?

O Cabaleiro

¡Agora si que vou listo! Dime, ¿viches algunha galiñeta?

María

¿Galiñetas, señor? Abofé, non, non vin ningunha dende a coresma, cando as vin comer en cas de dona Emma, miña avoa, de quen son estas ovellas.

O Cabaleiro

Abofé, agora estou apampado, nunca xamais fun tan chufado.

María

Señor, pola confianza que me debedes, ¿que ave é esa que tendes na vosa man?

O Cabaleiro

É un falcón.

María

¿Come pan?

O Cabaleiro

Non, come boa carne.

María

¿Esa ave? ¡Olla! ¡Ten a cabeza de coiro! ¿Onde ides?

O Cabaleiro

Ó río.

María

Berto non é coma vós. É moito máis festeiro. Arma no noso pobo todo o barullo, cando toca coa súa gaitiña.

O Cabaleiro

Dicídeme agora, doce pastoriña, ¿amariades a un cabaleiro?

María

Meu señor, botádevos para atrás. Non sei o que é un cabaleiro. De todos os homes do mundo non amaría senón a Berto. Vén á noite e á mañá onda min decote e por costume, e tráeme queixo do seu. Inda teño un pouco no meu seo, xunto cunha boa rebanda de pan que me trouxo para a merenda.

O Cabaleiro

Dicídeme, doce pastora: ¿quereriades vir comigo divertirvos con este fermoso palafrén, ó longo dese souto, por ese val?

María

¡Ai! Señor, afastade o cabalo: pouco faltou para que me mancase. O de Berto non dá couces cando vou tras do seu veso.

O Cabaleiro

Pastora, sede a miña amiga, e facede o que eu vos prego.

María

Señor, quitádevos de riba de min. Non debedes estar aquí. Por pouco o voso cabalo me manca. ¿Como vos chamades?

O Cabaleiro

Alberte.

María

Perdedes o tempo, don Alberte:

non amarei de non ser a Roberto.

O Cabaleiro

¿Non, pastora?

María

Abofé, non.

O Cabaleiro

¿Coidades que vos rebaixades comigo, que tanto rexeitades o meu prego? Cabaleiro son e vós pastora.

María

Non vos amarei por eso:

Pastoriña son, mais teño

amigo belido, galán e ledo.

O Cabaleiro

Pastora, déavos Deus ledicia. Xa que é así, seguirei o meu camiño. Dende agora non direi palabra.

Trailarilo, trailaralo, trailarelo,

Trailarilo, trailaralo, trailalaló.

Esta mañá cabalgaba, pola beiriña dun souto,

atopei xentil pastora, tan belida non a viu o rei.

¡Ei! Trailarilo, trailaralo, trailarelo,

Trailarilo, trailaralo, trailalaló.

María

¡Ei! Bertucho,

trailaralilo.

Ven pois a min,

trailaralá.

Iremos xogar

ó trailaralilo

ó trailaralá.

Berto

¡Ei, María!

trailaralilo,

trailaralá.

Veño onda ti,

trailaralilo,

e iremos xogar

ó trailaralilo,

ó trailaralá.

María

¡Berto!

Berto

¡Maruxa!

María

¿De onde vés ti?

Berto

¡Santo Deus!, quitei, porque vai frío, a miña alxuba, e puxen a miña cota de burel e tamén che traio mazás. Toma.

María

Berto, coñecinte moi ben polo cantar, cando viñas. ¿E ti non me recoñecías?

Berto

Coñecinte, si, polo canto e polas ovellas.

María

Berto, non sabes, meu amigo, mais non o tomes a mal: por aquí veu un home a cabalo, que tiña posta unha luva, e levaba algo coma un miñato no seu puño, e moito me pregou amalo; mais pouco acadou, pois eu non che faltaría.

Berto

Maruxa, mataríasme. Pero se chegase a tempo, eu, Goterre o Teimudo, Baudón, os meus curmáns, mil demos lle terían botado as mans. Nunca de aquí sairía sen pelexa.

María

Berto, meu amigo, non te preocupes, mais fagamos agora unha festa para nós.

Berto

¿Póñome de pé ou de xeonllos?

María

Non, ven sentar aquí ó meu carón, e almorzaremos.

Berto

Estou de acordo, sentarei aquí á túa beira, mais non che trouxen nada; abofé que che fixen grande afronta.

María

Non che importe, Berto, inda teño eu queixo aquí no meu seo, e unha boa rebanda de pan, e mazás que me trouxeches.

Berto

¡Deus! ¡Que manteigoso está este queixo! Come, miña irmá.

María

E ti tamén. Cando queiras beber, dío; aquí tes auga nunha xarra.

Berto

¡Deus! Quen tivese agora touciño da túa avoa, viría que nin pintado.

María

Bertiño, non o cataremos, pois pendura moi alto nos seus cangos. Amañémonos co que temos, é abondo para esta mañá.

Berto

¡Deus! ¡Que cansa teño a panza da partida de pelota de onte!

María

Di, Berto, pola fe que me debes, ¿xogaches á pelota? ¡Que Deus cho recompense!

Berto

Escoitarás dicir moito ben,

belida, escoitarás dicir moito ben.

María

Di, Berto, ¿queres comer máis?

Berto

Non, ho.

María

Gardarei entón este pan, este queixo no meu seo, ata que volvamos ter fame.

Berto

Méteo máis ben no teu zurrón.

María

Xa está. Berto, ¡Que almorzo! Prega e manda, e eu fareino.

Berto

Maruxa, comprobarei se ti es a miña leal amiga, pois ti achaches en min un amigo.

Pastoriña,

doce rapaciña,

dádeme, a vosa coroa de flores,

dádeme, a vosa coroa de flores.

María

Berto, ¿queres que cha poña

na túa cabeza en proba de amor?

¿Amarasme máis se cha poño?

¿Amarasme máis se cha poño?

Berto

Amarei, si, seredes a miña amiguiña,

teredes o meu cinguidoiriño,

a miña faldriqueira e a miña fibela.

Pastoriña,

doce rapaciña,

dádeme, a vosa coroa de flores,

dádeme, a vosa coroa de flores.

María

Con gusto, meu doce amiguiño.

Berto, rexóubanos un pouquiño.

Berto

¿Como queres, cos brazos ou coa testa? Dígoche que sei facer de todo. ¿Non o oíches contar?

María

Berto, pola alma do teu pai,

sabes marcar ben os puntos co pé.

Berto

Sei, si, pola alma da miña nai.

Mira como o fago

cara a adiante e cara a atrás,

fermosa, cara a adiante e cara a atrás.

María

Berto, pola alma do teu pai,

fainos pois o xiro da cabeza.

Berto

Maruxa, pola alma da miña nai,

ben o hei levar a cabo.

¿Quen pon tal cara?

fermosa, ¿quen pon tal cara?

María

Berto, pola alma do teu pai,

fainos pois o xiro dos brazos.

Berto

Maruxa, pola alma da miña nai,

farei todo o que queiras.

¿É este o xeito?,

fermosa, ¿é este o xeito?

María

Berto, pola alma do teu pai,

¿sabes facer o pincho?

Berto

Sei, si, pola alma da miña nai.

¿Hai en min un fermoso mozo,

cara a adiante e cara a atrás?,

fermosa, ¿cara a adiante e cara a atrás?

María

Berto, pola alma do teu pai,

¿sabes danzar o serain?

Berto

Sei, si, pola alma da miña nai,

mais teño moito menos cabelo,

por diante ca por detrás,

fermosa, por diante ca por detrás.

María

¿Berto, sabes levar a trisca?

Berto

Sei, mais o camiño está moi mollado, e teño as ósas rachadas.

María

Estamos ben arranxados de abondo: non te preocupes, comeza, por favor.

Berto

Agarda, vou polo tambor e pola gaita do grande roncón, e traerei aquí a Baudón, se o podo atopar, e a Goterre. E boa falla me farían se volvera o cabaleiro.

María

Berto, volve axiña, e se atopas a Petronila, a miña compañeira, chámaa, a compañía será mellor. Está tras desas cortiñas, segundo se vai ó muíño de Roxerio. Agora bule.

Berto

Déixame remangar. Non pararei de correr.

María

Vaite logo.

Berto

¿Goterre, Baudón, estades aí? Abrídeme axiña a porta, meus curmáns.

Goterre

Sexas benvido, Berto. ¿Que tes, que vés tan abafado?

Berto

¿Que teño? ¡Ai! Estou tan canso que non podo tomar folgo.

Baudón

Dime se che petaron.

Berto

Non, ho.

Goterre

Dime se che fixeron algún agravio.

Berto

Señores, escoitade un pouco. Vin ata aquí a por vós os dous, pois non sei que segrel a cabalo pregou de amores hai un pouco a Maruxiña, e inda temo que volva por alá.

Goterre

Se volve, hao pagar.

Baudón

¡Así será, certamente, por esta cabeza!

Berto

Teredes unha moi boa festa, meus señores, se vindes, pois vós e Huarte aló estaredes, e Petronila. ¿Non é boa xente? E teredes pantrigo, bo queixo e auga clara.

Baudón

¡Ei! Meu curmán, pois lévanos.

Berto

Mais vós os dous iredes por alí, e eu irei a por Huarte e Petronila.

Baudón

Pois vai, vai. E nós habemos ir por aquí, cara ó camiño que leva á Pedra. E eu levarei a forcada de ferro.

Goterre

E eu, o meu caxatón de espiño, que está en cas Burgueta, miña curmá.

Berto

¡Ei¡ ¡Petronila! ¡Petronila!

Petronila

¿Berto, es ti? ¿Que hai de novo?

Berto

¿Non o sabes? Chámate Maruxa; e máis imos ter unha festa moi grande.

Petronila

¿E quen estará?

Berto

Eu e ti; e tamén han estar Goterre o Teimudo, Baudón, Huarte e Maruxa.

Petronila

¿Poñerei a miña bonita cota?

Berto

Non, Petro, nada deso, pois esta alxuba che senta moi ben. Bule xa, eu vou diante.

Petronila

Vai, heite seguir de contado, se é que teño os meus años todos.

O Cabaleiro

¿Dicide, pastora, non sodes vós a que vin esta mañá?

María

Por Deus, señor, seguide o voso camiño e seredes moi cortés.

O Cabaleiro

Certo, miña doce e belida amiga, non o digo por mal, mais vou buscando por este val un paxaro cun axóuxere.

María

Seguide ó longo desa sebe, coido que alí o atoparedes. Hai pouco que voou cara a aló.

O Cabaleiro

¿Por favor, é certo?

María

É, si, sen falla.

O Cabaleiro

En verdade, pouco me importaría o paxaro, se tivese tan belida amiga.

María

Por Deus, señor, seguide o voso camiño, pois estou con moitos calafríos.

O Cabaleiro

¿Por quen?

María

Certamente, por Bertucho.

O Cabaleiro

¿Por el?

María

Por el, si, se el o soubese, non me habería amar nin un día máis, e eu non amo a ninguén tanto coma a el.

O Cabaleiro

Non tendes que temer a ninguén, se me queredes facer caso a min.

María

Señor, faredes que nos pillen; ídevos, deixádeme estar, pois non teño nada que falar con vós. Deixádeme gardar as miñas ovellas.

O Cabaleiro

¡Certamente, son un desgraciado cando me poño á túa altura!

María

Ídevos, faredes ben; e máis oín vir xente.

Oín Berto tanxer a chirimía de prata,

a chirimía de prata.

¡Por Deus, señor, agora ídevos!

O Cabaleiro

Pastoriña, quedade con Deus: non vos hei obrigar máis. ¡Ai! ¡Maldito vilán, coidado co que fas! ¿Por que matas o meu falcón? ¡Se che deran unhas labazadas, irían ben empregadas!

Berto

¡Ai! Señor, fariades mal. Teño medo que escape.

O Cabaleiro

Toma en pago este sopapo, xa que tanto agarimas o falcón.

Berto

¡Acudide! ¡Deus! ¡Acudide, miña xente!

O Cabaleiro

¿Berras? Toma este lapote.

María

¡Santa María! ¡Sinto a Berto! Coido que está collido. ¡Perdería as miñas ovellas antes de non ir valerlle! ¡Pobre de min! ¡Vexo o cabaleiro! Coido que por min lle petou. ¿Berto, meu amigo, que che pasa?

Berto

Certamente, miña amiga, deixoume morto.

María

Por Deus, señor, non tendes razón, que así o mallastes.

O Cabaleiro

¿E logo el como puxo o meu falcón? Mirade, pastora.

María

Non coñece os seus coidados. Por Deus, señor, agora perdoádelle.

O Cabaleiro

Con pracer, se vindes comigo.

María

Non farei tal.

O Cabaleiro

Farédelo, si. E non quero ter outra amiga, e quero que veñades neste cabalo.

María

Levarédesme logo á forza. ¿Berto, por que non me socorres?

Berto

¡Ah! ¡Ai! ¡Agora perdino todo! ¡Tarde acudirán os meus curmáns! ¡Perdo a Maruxa, levei un lapote e teño a cota e o xibón rachados!

Goterre

¡Ei! Esperta, Berto,

que che levan a Maruxa,

que che levan a Maruxa.

Berto

¿Baudón, Goterre, estades aí? ¡Perdino todo, Maruxa vaise!

Goterre

¿E por que non a imos socorrer?

Berto

Calade, botaríase de contado a nós, aínda que fosemos catrocentos. ¡É un cabaleiro fóra de si que ten unha moi grande espada! Inda agora me deu tal tunda que me doerá por moito tempo.

Goterre

Se eu houbese chegado a tempo, tería habido unha boa.

Berto

Veña, vexamos o que fan, por favor, embosquémonos os tres detrás deses matos. Pois quero socorrer a María, se me axudades a valerlle. Recobrei un pouco o meu ánimo.

María

Meu señor, afastádevos de min, será o máis cabal.

O Cabaleiro

Doncela, non farei tal, senón que vos levarei comigo, e eu ben sei o que vos hei dar. Non vos poñades tan fera comigo, collede este paxaro de río que cazei, e comédeo.

María

Prefiro o meu queixo manteigoso, o meu pan e as miñas mazás ó voso paxaro con todas esas plumas. Nin con nada me podedes compracer.

O Cabaleiro

¿E eso que é? ¿Non hei poder pois facer cousa que che caia en gracia?

María

Señor, sabede realmente que ningunha. Nada vos ha servir.

O Cabaleiro

¡Pastora, Deus vos aconselle! ¡Certamente, fago o parvo cando perdo o meu tempo por esta parva! Adeus, pastora.

María

Adeus, meu señor. ¡Pobre de min! Agora está Berto moi adoecido, pois coida que me perdeu.

Berto

¡Ei! ¡Ei!

María

¡Deus! ¡É el quen berra alá! ¿Berto, meu amigo, como andas?

Berto

Maruxa, estou moi ben, e curado, porque te vexo.

María

Pois achégate, e abrázame.

Berto

Con pracer, miña irmá, xa que che gusta.

María

¡Mirade para este pasmón que me bica diante da xente!

Goterre

Maruxa, somos parentes seus. Nunca teñas medo de nós.

María

Non o digo por vós, pero semella tan parviño que faría coma agora diante de todos os da vila.

Berto

¡Bo! ¿E quen se aguantaría?

María

¿Aínda máis? ¡Mirade que trouleiro é!

Berto

¡Deus! ¡Que valente eu sería agora se volvera o cabaleiro!

María

¿Seguro, Berto? ¿A que se debe que non saibas con que argalladas me escapei?

Berto

Seino eu ben. Vimos moi ben os teus amaños. Pregúntalles ó meu curmán, Baudón, e a Goterre, se cando eu te vin marchar, non me tiveron que agarrar. Tres veces lles escapei ós dous.

Goterre

Berto, es moi valente. Mais, como a cousa foi moi ben, debe ser esquecida axiña. Ninguén de nós debe falar deso.

Berto

Cómpre que agardemos por Huarte e Petronila, que van vir. ¡Ei! Aí os veñen.

María

Son eles, si.

Berto

¿Di, Huarte, traes a gaita?

Huarte

Traio, si.

María

¡Benvida, Petro!

Petronila

¡Maruxa, que Deus te benzoe!

María

Moito te fixestes de rogar. Xa vai sendo hora de cantar:

Con semellante compañía

Temos que mostrar ledicia.

Baudón

¿Estamos todos aquí?

Huarte

Estamos, si.

María

Pensemos agora nun xogo.

Huarte

¿Váleche ós Reis e ás Raíñas?

María

Mellor ós xogos que se fan polo Nadal, pola Noiteboa.

Huarte

¿O San Cosme?

Baudón

A outro non quero.

María

É mal xogo, faise moita burla.

Huarte

Maruxa, non rías.

María

¿E quen ha poñer as regras?

Huarte

Moi ben, eu mesmo. Quen ría cando vaia levar a ofrenda, debe sentar no lugar de san Cosme. E que gañe quen poida.

Goterre

¿Quen fará de santo?

Berto

Eu.

Baudón

Está ben. Goterre, ofrenda ti primeiro.

Goterre

Toma, san Cosme, este presente. E, se vos parece pequeno, tomade máis.

Berto

¡Ah! Perde que ri.

Goterre

Certo, está ben.

Huarte

Maruxa, veña.

María

¿Quen panda?

Huarte

Goterre o Teimudo.

María

Tomade, san Cosme, meu Señor.

Huarte

¡Deus! ¡Como aguanta sen rir! ¿Quen vai despois? Petro, veña.

Petronila

Meu señor san Cosme, tomade, eu tráiovos este presente.

Berto

Saes moi ben do apuro. Veña, Huarte, e ti, Baudón.

Baudón

Tomade, san Cosme, este bo don.

Goterre

Ti ris, pillabán. Entón pandas ti.

Baudón

Eu non.

Goterre

Huarte, tócache.

Huarte

Vou. Velaquí dous marcos.

Goterre

Perdiches.

Huarte

Agora, acouga, non te ergas. Pois aínda non rin.

Goterre

¿Que ocorre, Huarte? ¿Queres pelexa? Sempre queres que te mallen. ¡En mala hora viñeches! Veña, págao axiña sen atrancos.

Huarte

Eu pago, de boa gana.

Berto

Tomade, san Cosme. ¿Fagamos as paces?

María

¡Ouh! Señor, este xogo é moi noxento. ¿Non si, Petro?

Petronila

Non vale nada. E sabede que é mellor que fagamos outras troulas. Aquí somos dúas mociñas, e entre vós sodes catro.

Goterre

Botemos un peido para nos divertir. Non hai nada mellor.

Berto

¡Fóra! ¿Goterre, vaia xeito de troulear, dicir diante da miña amiga Maruxa tan gran porcallada? ¡Nos fuciños o leve quen o tome a ben e con gusto! ¡Nunca máis se che ocorra!

Goterre

Deixémolo aí para termos paz.

Baudón

Agora pensemos noutro xogo.

Huarte

¿Cal queres ti?

Baudón

Eu quero, con Goterre o Teimudo, xogar ós Reis e ás Raíñas. E farei preguntas sutís se queredes facerme rei.

Huarte

Non, señor, pola fe que che debo, antes botarémolo á sorte das mans.

Goterre

Certo, dis ben, meu compañeiro. A quen lle caia o dez tocaralle ser rei.

Huarte

Estamos todos de acordo. ¡Vamos xa! Poñamos as mans xuntas.

Baudón

¿Está ben? ¿Que vos parece? ¿Quen comezará?

Huarte

Goterre.

Goterre

De boa gana o farei. O primeiro.

Huarte

Dous.

Berto

Tres.

Baudón

Catro.

Huarte

Sigue contando, Maruxa, sen rosmar.

María

Está ben. Cinco.

Petronila

Seis.

Goterre

Sete.

Huarte

Oito.

Berto

Nove.

Baudón

E dez. ¡Pois ben, meus señores, son rei!

Goterre

Pola mai de Deus, é xusto, e todos nós, coido, o queremos.

Berto

Ergámolo en alto e coroémolo. ¡Ouh, que ben!

Huarte

¡Ei! Petro, agora dálle, por favor, ó rei, por vez de coroa, o teu sombreiro de palla.

Petronila

Tomade, rei.

O Rei (Baudón)

Goterre o Teimudo, vinde á audiencia, vinde axiña.

Goterre

Irei con gusto, señor. Mandade calquera cousa que eu poida facer, e que non me sexa prexudicial. E eu fareino de seguida por vós.

O Rei (Baudón)

¿Dime, tiveches algunha vez ciúmes? E despois hei chamar a Berto.

Goterre

Tiven, si, señor, dun mastín que oín bater o outro día na porta do cuarto da miña amiga. E supuxen que era un home.

O Rei (Baudón)

Veña ti, Berto.

Berto

Rei, Walekomme. Pregúntame o que che praza.

O Rei (Baudón)

Berto, cando nace un animal, ¿en que sabes que é unha femia?

Berto

¡Esa pregunta si que é boa!

O Rei (Baudón)

Contesta entón.

Berto

Non, non o farei; mais se o queredes saber, señor rei, mirádelle no cu. Outra cousa de min non sacades. ¿Coidades avergoñarme?

María

Realmente, ten razón.

O Rei (Baudón)

¿A vós que vos importa?

María

Importa si, pois a pregunta é noxenta.

O Rei (Baudón)

Maruxa, quero que sacies o seu desexo.

Berto

Non ouso, señor.

O Rei (Baudón)

¿Non? Está ben, abraza entón a María tan agarimosamente coma a ela lle praza.

María

Mirade que é parvo, se non me dá un bico.

Berto

Non o fago, seguro.

María

Mentes. Ben se ve aínda. Mirade, coido que me mordeu na cara.

Berto

Coidei que eras un queixo, tan tenra e mol te sentín. Achégate, irmá, e abrázame, para facermos as paces.

María

¡Veña, parvo do demo! ¡Es máis pesado ca unha lousa!

Berto

¡Ei, por Deus!

María

¿Aborréceste? Ven aquí e acouga, meu señor; non direi máis nada. Non esteas avergoñado nin turbado.

O Rei (Baudón)

Ven á audiencia, Huarte, ven.

Huarte

Vou, xa que o queredes.

O Rei (Baudón)

Di, Huarte, que Deus che axude. ¿Que viandas che gustan máis? Saberei se me dis a verdade.

Huarte

Un bo pernil de porco cebado e gordo, cunha forte allada de noces. Por certo, tanto comín o outro día que tiven unha cagarría.

O Rei (Baudón)

¡Ei! ¡Deus, vaia caza! Huarte non sabería dicir outra cousa.

Huarte

Petro, á audiencia.

Petronila

Non ouso.

O Rei (Baudón)

Si tal, Petro, si. Di, pola fe que me debes, cal foi a maior ledicia de amor que nunca sentiches, en calquera parte que estiveras. Dío, e eu escoitareiche.

Petronila

Señor, direino encantada. Abofé, é cando o meu amigo, que me entregou corpo e alma, me fai compañía no campo, preto das miñas ovellas, sen vilanía, moitas veces, a miúdo e a cotío.

O Rei (Baudón)

¿Sen máis?

Petronila

Sen máis, si.

Huarte

Está mentindo.

O Rei (Baudón)

Santo Deus, créocho ben. Maruxa, érguete, veña, ven á audiencia, ven.

María

Facédeme unha boa pregunta.

O Rei (Baudón)

Con moito gusto. Dime, Maruxiña, canto amas ó meu curmán, Bertiño, este alegre mozo. ¡Deshonrada sexas se mentes!

María

Abofé, nunca mentirei neso. Ámoo, señor, de amor tan verdadeiro que non amo tanto ás ovellas que teño, nin a aquela que tivo años.

O Rei (Baudón)

¡Santo Deus, eso é amor! Quero que o saiba todo o mundo.

Goterre

Maruxa, ¡que gran desgracia! O lobo lévache unha ovella.

María

Berto, corre axiña, meu amigo, antes de que o lobo a coma.

Berto

Goterre, déixame a túa moca, e habedes ver un mozo valente. ¡A el! ¡Ó lobo! ¡Ó lobo! ¡Ó lobo! ¿Non son o máis atrevido do mundo? Toma, Maruxa.

María

¡Ai! ¡Coitada! ¡Que magoada vén!

Berto

Mais mira como está enlamada.

María

¿Como traes ti ese animal? Ten o cu cara á cabeza.

Berto

Non importa. Foi coa présa, cando a collín. Maruxa, apalpa por onde o lobo a atrapou.

Goterre

¡Mais mira aquí que moradaestá!

María

¡Goterre, que ruín!

Berto

Maruxa, agárraa coas mans. Mais mira que non te morda.

María

Non o farei, porque está moi porca. Mais déixaa ir pacer.

Baudón

¿Sabes que che quero dicir, Berto? Se ti amas tanto a Maruxiña como parece, fágoche saber que che aconsellaría casar con ela, se Goterre outorga.

Goterre

Eu, si.

Berto

E eu tamén quero.

Baudón

Pois tómaa.

Berto

Logo, ¿é toda miña?

Baudón

Éo, si, ninguén se opoñerá.

María

¡Ei! ¡Berto, que forte me abrazas! ¿Non o sabes facer con xeito?

Baudón

Marabíllate que non lle entre envexa destes dous a Petro.

Petronila

¿Quen? ¿Eu? Non coñezo a ninguén que algunha vez cavilara en min.

Baudón

Se cadra, si que habería, si, se ti ousases probar.

Petronila

¿Con quen?

Baudón

Comigo ou con Goterre.

Huarte

Non, comigo, miña doce Petro.

Goterre

Claro, señor, ¿pola vosa gaita? Non o tes no mundo máis valente. Mais eu polo menos teño un cabalo de tiro, uns bos arreos, un angazo, un arado, e máis son o señor da nosa rúa. Tamén teño unha galdrapa e unha cota do mesmo pano. E miña nai ten unha boa copa, que me ha tocar se ela morre, e unha renda que lle deben en gran por un muíño de vento, e unha vaca que nos dá ó día leite e queixo dabondo. Di, Petro, ¿non son eu un bo partido?

Petronila

Es, si, Goterre. Mais non ousaría mocear con ninguén, por mor do meu irmán Guiocho, pois ti e mais el sodes dous parvos, e podería xurdir axiña unha liorta.

Goterre

Se non me queres, non me importa. Pensemos nesoutras vodas.

Huarte

Dime, ¿que tes aí neses vultos?

Petronila

Hai pan, sal e bérragos. E ti, ¿tes algo, María?

María

Nada de nada. Pregúntalle a Berto, agás queixo desta mañá, pan que nos sobrou e mazás que me trouxo. Velos aquí, se gustades.

Goterre

¿Quen quere dous xamóns curados?

Huarte

¿Onde están?

Goterre

Están moi preto de aquí.

Petronila

Eu teño dous queixos frescos.

Huarte

¿Di, de que son?

Petronila

De ovella.

Berto

Señores, eu teño chícharos rustridos.

Huarte

¿Coidas cumprir con tan pouco?

Berto

Non, inda teño mazás cocidas. María, ¿queres algunha?

María

¿Non tes máis?

Berto

Teño, si.

María

Dime entón que gardaches para min.

Berto

Inda che teño un pastel

que non é cativa cousa,

que hemos comer, Maruxa,

bico con bico, eu e ti.

Agárdame aquí, Maruxa,

heiche de vir falar aquí.

Maruxa, ¿queres algo máis de min?

María

Por Deus, quero, si.

Berto

E eu dígoche

que teño un deses capóns

de gordas e graxas crocas,

que hemos comer, Maruxa,

bico con bico, eu e ti.

Agárdame aquí, Maruxa,

heiche de vir falar aquí.

María

Berto, pois volve axiña con nós.

Berto

Con pracer, miña amiga; e vós, xantade mentres que vou, e faredes ben.

María

Berto, sería unha afronta. Sabes que eu agardarei por ti.

Berto

Non o fagas, mais fai estender aquí a túa alxuba en lugar do mantel, e poñede enriba as vosas vituallas, pois eu volvo agora mesmo.

María

Mellor, pon a túa alxuba, Petro, pois está máis limpa cá miña.

Petronila

Está ben, Maruxa, de acordo, pois é a túa vontade. Toma, velaquí xa lista, esténdea onde queiras.

Huarte

Veña, meus señores, traede, aquí por favor as vosas viandas.

Petronila

Mira, Maruxa, alá vexo, paréceme, a Berto que vén.

María

É el; e vén bailando. ¿Que che parece? ¿É un bo mozo?

Petronila

Éo, si, Maruxa, é moi feitiño. E esfórzase por cumprir os teus desexos.

María

¡Mira os músicos que trae!

Huarte

¿Onde están?

Goterre

¿Non ves aqueles mozos que traen aquelas dúas grandes trompetas?

Huarte

Santo Deus, agora si que os vexo.

Berto

Maruxa, xa volvín. Toma, di, ¿ámasme de todo corazón?

María

Amo, si.

Berto

Moitísimas gracias, irmá, por non te escusar de mo dicir.

María

¡Ei! ¿Que é eso?

Berto

Son gaiteiros que collín naquel vilar. ¡Toma, mira que bonita cousa!

María

Berto, por favor, senta aquí. E eses compañeiros sentarán aí.

Berto

Está ben, miña querida amiga.

María

Agora xantemos todos moi ben. Toma este bocado, meu querido amigo. ¡Ei! ¿Goterre, en que pensas?

Goterre

Certamente, pensaba en Berto, pois, se non fosemos curmáns, amaríate sen ningunha dúbida, porque es moi ben tallada. ¡Baudón, mira que corpo ten!

Berto

Goterre, quita a man de aí. Non é a túa amiga.

Goterre

¿Xa tes ciúmes?

Berto

Teño, si.

María

Berto, non temas.

Berto

¡Inda che está botando a man!

María

Goterre, por favor, acouga, non me preocupo das túas chufas. Mais pensa na nosa festa.

Goterre

Eu sei moitos cantares de xestas. ¿Querédesme oír cantar?

Berto

Eu, si.

Goterre

Fai entón que me oian.

Audigier, dixo Raimberge, bosta vos digo.

Berto

¡Eh! Goterre, non quero oír máis. ¡Veña! ¿Di, serás sempre o mesmo? Cantas coma un porco xograrón.

Goterre

En mala hora se chufa este parvo, que anda denigrando os meus versos. ¿Non é unha linda canción?

Berto

Non, non o é.

Petronila

Por favor, fagamos a trisca, e Berto haa guiar, se quere, e Huarte tocará a gaita, e os outros dous tocarán as trompetas.

María

Agora quitemos entón todas estas cousas. Por favor, Berto, leva o baile.

Berto

¡Ai! ¡Deus! ¡Canto traballo me dás!

María

Veña, faino, meu amigo, e eu abrázote.

Berto

Xa que me deches un abrazo, has ver que ben o fago; mais habemos bailar antes os dous sós, nós que bailamos tan ben.

María

Veña, se queres. Vamos logo, pon as mans na illarga. ¡Deus! ¡Berto, que ben bailas!

Berto

¿Bailo ben, Maruxiña?

María

Moi ben, si, o meu corazón latexa cando te vexo bailar tan ben.

Berto

Agora quero guiar a trisca.

María

Veña, por Deus, meu querido amigo.

Berto

Vamos veña, meus señores, erguédevos, e collédevos pola man, eu irei diante. Maruxa, déixame a túa luva, e fareino con maior ledicia.

Petronila

¡Deus! ¡Berto, que ben vai bailado! Debes recibir gabanzas de todos nós.

Berto

Vinde tras miña, vinde pola senda,

pola senda, pola senda preto do bosque.