Voltar

Halle, Adán de la

A peza da enramada

Traducción de Agustín Vilariño Martínez

 

A PEZA DA ENRAMADA

 

Adán

Señores, ¿sabedes por que cambiei de hábitos? Vivín cunha muller, agora volvo á clerecía: e levarei a cabo o que desde hai tempo soñei. Mais quero antes tomar licencia de todos vós. Agora non poderá dicir ningún dos que eu frecuentei que me teña gabado en balde de que me iría a París. Todo o mundo pode acordar, por moi enfeitizado que estea. Despois dunha enfermidade vén a saúde. E máis non perdín tanto o meu tempo que non procurara amar lealmente: aínda ben se coñece polos anacos coma era o pote. E voume a París.

Ricacho Ourive

¿Coitado, que farás alí? ¡Nunca saíu bo clérigo de Arrás, e ti queres logralo! Sería unha grande patraña.

Adán

¿Seica Ricacho Amión non é bo clérigo nin sutil para os libros?

Lelo o Mercador

Éo, si: "por dous diñeiros a libra", non vexo que saiba outra cousa. Mais ninguén ousa reprendervos, por serdes tan cabeza louca.

Ricacho

¿Pensades, meu querido amigo, que levará a cabo o que di?

Adán

Todos desprezan as miñas verbas, segundo me parece, e moito mas rexeitan. Mais, xa que é necesario e que me cómpre mirar por min, sabede que non teño por tan prezada a permanencia en Arrás nin as ledicias que, por elas, deba eu deixar o saber. Xa que Deus me deu talento, é hora de que o dirixa cara ó ben. Ata aquí baleirei dabondo a miña bolsa.

Xiliño o Pequeno

¿Entón que será da vosa paisana, miña comadre dona María?

Adán

Meu señor, quedará aquí co meu pai.

Xiliño

Mestre, non será dese xeito, se ela se pode poñer en camiño. Pois ben sei, se algunha vez a coñecín, que, se ela vos soubese alí hoxe, mañá iría para alá sen demora.

Adán

¿E sabedes vós o que hei facer? Para separala de min poñerei mostaza no meu carallo.

Xiliño

Mestre, todo eso non vos vale de nada, nin o asunto ten nada que ver con eso. Non vos podedes ir así, pois, desque a Santa Igrexa une a dúas persoas, non se pode volver atrás. Cómpre non se pillar os dedos.

Adán

Abofé, falas á lixeira, como cando dis: "tállamo por aquí". ¿Quen sabería gardarse ó comezo? O amor colleume no punto en que o namorado dobra a súa ferida se del se quere defender. Pois fun collido na primeira fervura, xusto na verde estación e no ardor da xuventude, cando a cousa ten máis gran sabor e ninguén anda á caza do seu ben, senón do que lle agrada. O verán era fermoso e despexado, doce, verde, claro e ledo, agradable polo canto dos paxariños. No fondo bosque, preto dunha fontiña que corría sobre o escintilante xabre, entón tiven a visión daquela que teño hoxe por muller, que me parece agora pálida e sen louzanía. Entón era branca e vermella, sorrinte, namorada e delicada; agora véxoa gorda e mal tallada, triste e rifeira.

Ricacho

É unha grande marabilla. En verdade sodes ben voluble. ¡Que feituras tan deleitosas esquecestes tan axiña! Ben sei por que estades farto.

Adán

¿Por que?

Ricacho

Ela non fixo con vós gran saldo de toda a súa mercancía.

Adán

¡Puaf! Ricacho, non se trata deso, senón que Amor unxe así a xente e ilumina cada unha das gracias da muller e faina parecer tan grande, que un coida dunha calquera que sexa unha verdadeira raíña. Os seus cabelos semellaban escintilantes, dourados, vigorosos, crespos e tornasolados; agora están caídos, negros e esmorecidos. Todo nela me semella agora cambiado. Tiña a fronte ben proporcionada, branca, lisa, ancha, descuberta; agora véxolla engurrada e estreita. As sobrancellas semellaban arqueadas, finas e debuxadas co pelo moreno coma cun trazo de pincel, para faceren máis fermosa a mirada; agora véxoas en desorde e alporizadas coma se quixesen voar no aire. Os seus ollos negros pare-cíanme verdes, nidios e ben trazados, dispostos para atraeren, grandes debaixo das finas pálpebras, con dúas cerquiñas xemeas, abríndose e pechándose ó seu antollo e con miradas namoradoras; logo baixaba entre os dous o cano do nariz fermoso e dereito, proporcionado por arte de mesura, que lle daba forma e feitura, e estremecía de ledicia. Arredor tiña brancas meixelas, facendo ó sorrir dúas coviñas, un pouco matizadas de vermello, mostrándose por debaixo da touca. Parecíame entón que nin Deus era quen de facer unha faciana parella á súa. Logo seguía a boca, fina nas comisuras e no medio grosa, fresca e vermella coma unha rosa; brancos dentes, xuntos e pretos. E despois a barbada repartida da que nacía o branco colo, sen covas ata os ombros, liso e regordiño ó ir baixando; seguindo coa parte traseira do colo, sen velo, branco e groso axeitadamente, sobresaíndo un pouco da cota. Os seus ombros non eran eslombados, deles descendían longos brazos, grosos e delgados segundo lles cumpría. Aínda todo esto era o de menos, para quen mirase as súas brancas mans, das que nacían aqueles fermosos e longos dedos con finas articulacións, delgados na punta, cubertos cunhas uñas sanguíneas, preto da carne lisa e fermosa. Agora volverei para describir a parte dianteira, baixando do colo: en primeiro lugar, o seo chatiño, duro e pequeno, ergueito e de fermosa feitura, pechando a cada lado o regueiriño de Amor, que aflúe na cintura; o embigo para diante e os riles arqueados, coma eses mangos de marfín tallados das navalliñas das doncelas. Lisos cadrís, coxiñas redondas, groso papo da perna finos nocellos, pé arqueado, delgado, con pouca carne. Esta semellábame a súa aparencia. E creo que debaixo da súa camisa o resto non deslucía en nada. E decatouse ben ela mesma de que eu a amaba máis ca a min mesmo, e volveuse altiva comigo. E canto máis se puña altiva, tanto máis facía medrar en min amor, desexo e bondade. Con esto mesturáronse ciúmes, desesperanza e loucura. E canto máis me enardecía polo seu amor, menos eu me coñecía, de tal xeito que nunca despois tiven acougo. Así fixen dun señor un soberano. Boas xentes, deste xeito fun eu preso por Amor, que así me enfeitizou. Pois ela non tiña as feituras tan fermosas coma o amor mas fixo ver; mais o desexo fíxomas probar co rico sabor de Vauchelles. E é xusto que eu me dea por satisfeito antes de que a miña muller empreñe e que a cousa me custe máis, pois a miña ansia xa acougou.

Ricacho

Mestre, se ma deixades, ela sería moi do meu gusto.

Mestre Adán

¡Ben volo creo! Prego a Deus que non me ocorra mal: non preciso máis desgracias. Pero quixera recobrar o perdido e, para aprender, correr a París.

Mestre Henrique

¡Ah! ¡Meu querido fillo! ¡Canto te compadezo, por teres agardado tanto aquí, e por unha muller teres perdido o tempo! Agora fai coma o sabio, vaite.

Xiliño o Pequeno

Dádelle cartos logo: non se vive da nada en París.

Mestre Henrique

¡Ai! ¡Pobre de min! ¿Onde os atoparei? ¡Non teño máis ca vintenove libras!

Lelo o Mercador

¡Polo traseiro de Deus! ¿Estades borracho?

Mestre Henrique

Non, hoxe non bebín viño. Metino todo en xarradas. ¡Maldito sexa quen me aconsellou!

Mestre Adán

¿Que pasa? ¿Que pasa?¡Xa que logo agora podo ser estudiante!

Mestre Henrique

Meu fillo, sodes forte e espelido, así que sairedes adiante por vós mesmo. Eu son un home vello cheo de tose, enfermo, cheo de reuma e encrequenado.

O Físico

Ben sei de que estades mal, pola fe que vos debo, mestre Henrique, ben vexo aquí a vosa doenza: é un mal que se chama avaricia. Se queredes que vos cure, faládeme a modo. Son un doutor moi consultado, e teño xente de aquí e de acolá á que eu hei de curar deste mal. Singularmente nesta vila teño polo menos dous milque non teñen repouso nin acougo. Quilate xa está á morte, tanto el coma Roberto Cosel, esa besta de Forxeiriño. Igual cás súas liñaxes todas.

Xiliño o Pequeno

Abofé, non sería pena ningunha se todos eles estiveran mortos e ben fríos.

O Físico

Tamén teño dous Ermanfridos, un o de París, o outro Crespín, que van tirando á súa fin, só por esta cruel doenza. Eles e os seus fillos e a súa liñaxe. Mais, o de Quilate é cousa moi espantosa, pois el é homicida de si mesmo. Se morre, sería pola súa culpa, pois merca o peixe morto, e é grande marabilla que non rebente.

Mestre Henrique

¿Doutor, que é o que teño aquí? ¿Entendedes vós deste mal?

O Físico

¿Bo home, non tes un bacín?

Mestre Henrique

Teño, si, doutor, velaquí un.

O Físico

¿Ouriñastes en xaxún?

Mestre Henrique

Ouriñei, si.

O Físico

Entón, Deus te protexa. Meu home, tes o mal de san Leonardo, non desexo ver máis.

Mestre Henrique

¿Doutor, cómpre que me deite?

O Físico

Non, nunca por eso vos deitedes. Compuxen deste xeito a tres enfermos desta vila.

Mestre Henrique

¿Quen son?

O Físico

Xoán de Vilavella, Guillerme Vagón, e o terceiro ten por nome Adán o Lanceiro. Todos eles estaban enfermos por encheren moito de máis o seu bandullo. E por eso tes o ventre tan inchado.

Dona Doce

Meu doutor, aconselládeme a min tamén, e collede o meu diñeiro. Pois a min o ventre tamén me incha tanto que non podo camiñar. E trouxen, dende tres leguas, para vola mostrar, os meus ouriños.

O Físico

Este mal vén de se deitar sobre o lombo, señora, é o que di este ouriñal.

Dona Doce

Mentides, señor pillabán; non son tal muller. Xamais por don nin por promesa desexo facer semellante traballo.

O Físico

Entón mandarei mirar o polgar, para demostrar a vosa trola. Rainelete, cómpre untar o teu polgar. Levanta un pouco. Mais antes hai que limpalo. Xa está. Mira nesta cruz e di o que ves nela.

Dona Doce

Certamente desexo que se diga todo.

Rainelete

Señora, vexo aquí que vos foden. Non calarei nada, por ninguén.

O Físico

¡He, he! ¡Deus! Ben sabía como ía o asunto. O mexo non mentía.

Dona Doce

Toma. ¡Maldita sexa a túa testa roxa!

Rainelete

¡Ei, este non é un aloumiño!

O Físico

Non che importe, Rainelete, meu fillo. ¿Señora, por favor, de quen tendes ese fillo?

Dona Doce

Señor, xa que tanto sabedes non vos hei agachar máis o resto. Fíxomo este vello ladrón. ¡Así me poida librar del!

Ricacho

¿Que di esa muller? ¿Está borracha? ¿Bótame enriba o seu fillo?

Dona Doce

Boto, si.

Ricacho

Non sei deso nin pouco nin moito. ¿Cando ocorreu este asunto?

Dona Doce

Abofé, aínda non hai moito. Foi un pouco antes da coresma.

Xiliño

Évos boa cousa para contarlla á vosa muller, Ricacho. ¿Queredes algún mandado máis?

Ricacho

¡Ah!, xentil home, acougade. Por Deus, non armedes máis liorta. Ela ten tan mal carácter que cre no que non ocorre.

Xiliño

¡Por Deus, benditos sexan os que tememos! Teño por cordura e valentía que as mulleres da rúa Garance se fagan temer e respetar.

Lelo

Tamén a muller de Mateo o Lanceiro, que foi dona de Arnaldo da Porta, fai que a teman e a soporten. Válese das uñas e dos dedos contra o meiriño de Vermandois. Mais teño por sabido ó seu home porque cala.

Ricacho

E nesta veciñanza hai tamén dúas rapazas, unha é Margot dos Melonciños, a outra Aelís do Dragón. Se unha rifa co seu home, a outra fala catro veces máis.

Xiliño

¡Ah! ¡Deus verdadeiro! Trae unha estola: acaba de nomear dous demos.

Lelo

Mestre, non vos sorprendades se me cadra nomear á vosa.

Adán

Non me importa, mais que non o sinta ela. Tamén eu sei doutras tan rifonas: a muller de Henrique dos Arxáns, que rabuña e arrepía coma un gato, e a muller do mestre Tomé de Darnestal, que vive nas aforas.

Lelo

¡Esas teñen cen demos no corpo, se algunha vez eu fun fillo do meu pai!

Adán

Tamén os ten dona Eva, vosa nai.

Lelo

A vosa muller, Adán, non lle adebeda nada.

O Monxe

Señores, noso señor santo Acarioveu visitarvos a este lugar. Achegádevos todos a el para lle pregardes, e que cada quen faga a súa ofrenda, que non hai santo de aquí a Irlanda que faga tan fermosos milagres; pois rexeita o inimigo do homegracias ó santo milagre divino, e así cura da loucura comunmente, a parvos e a parvas. A cotío os vexo vir, mesmo dos máis trastornados ó noso mosteiro de Haspres, que están sans ó marcharen, pois o santo é moi poderoso. E cunha soa moediña podedes lograr algún ben do santo.

Mestre Henrique

Abofé, entón propoño que levemos alí a Mozo, antes de que empeore o seu estado.

Ricacho

Vamos xa, en pé, Mozo, adiante. Creo que aquí non hai máis parvo ca ti.

O Mozo

Santo Acario, divino cagallón, dádeme sopa de chícharos dabondo, pois eu son, mirade, un parvo reputado. Estou moi contento de vervos, e por eso vos traio, tal como creo, meu sobriño, un bo queixo manteigoso. Agora mesmo o comerás. Non che sei facer outra festa.

Mestre Henrique

¿Mozo, pola fe lle que debes a santo Acario, que houberas dado se foses de agora en diante tan bo segrel coma teu pai?

O Mozo

Meu sobriño, tan bon zanfonista quixera ser agora coma el foi, aínda que agora me aforcasen ou me cortasen a cabeza.

O Monxe

Abofé, este é un verdadeiro parvo. Con razón vén a santo Acario. Mozo, bica o relicario, axiña, polo xentío que vén.

O Mozo

Bícao tamén, meu sobriño Valaincourt.

O Monxe

¡Ei! Mozo, meu sobriño, vaite sentar.

Dona Doce

Por Deus, señor, escoitádeme. Aquí mandan dúas esterlinas Colart de Bailleul e Heuvín, pois teñen grande fe no santo.

O Monxe

Coñézoos ben dende a súa infancia, cando lle ían armar as bolboretas. Botade aí dentro eses vellóns e logo traédeos mañá.

O Mozo

Velaquí para Goterre o da Man. Mandade tamén pregar por el; tamén hoxe está enfermo do mal que ten no cerebro.

Lelo

Agora fagamos todos o becerro, pois que din que se pon carraxento.

O Xentío

¡Muuu!

O Monxe

¿Non hai máis ninguén que bote? ¿Esqueceuvos o santo?

Henrique da Halle

E velaquí unha tega de trigo por Xoán Cociña, o noso alguacil. Encoméndollo a santo Acario. Hai tempo que llo ofreceu.

O Monxe

Irmán, encomendáchelo ben. ¿Mais onde está que non vén?

Henrique

Señor, o mal agravouno, e deitárono un pouco. Mañá volverá aquí a pé, se Deus quere. E o santo ha ter máis.

O Pai

Veña xa, erguédevos, meu fillo, e vinde adorar o santo.

O Parvo

¿Que pasa? ¿Querédesme matar? Fillo de puta, ladrón herexe, ¿credes a estes hipócritas? Deixádeme ir, pois eu son o rei.

O Pai

¡Ah! Meu querido fillo, acougade, ou levaredes unhas labazadas.

O Parvo

Non o farei. Son un sapo, e non como senón ras. Escoitade, toco o sacabuches: ¿Está ben tocado? ¿Tocarei máis?

O Pai

¡Ai! Meu querido fillo, acougade no chan, e poñédevos de xeonllos, senón, Roberto Durmichón, que é o novo príncipe do Pui, havos dar.

O Parvo

¡Que cagada! Son mellor príncipe ca el. Para o seu Pui debe facer unha cantiga, con razón, o mestre Goterre dos Polgares, e outro dos seus parellos, de nome Tomé de Clari. Estoutro día oínos loárense. Mestre Goterre xa se adica a darlle á corneta, e di que será coroado.

Mestre Henrique

Serao logo no xogo dos dados, pois eles non buscan outra diversión.

O Parvo

Escoitade o que esborreca a nosa vaca. Agora mesmo vouna deixar preñe.

O Pai

¡Ah! ¡Parvo fedento, quitade as vosas mans das miñas roupas; que non vos teña que dar!

O Parvo

¿Quen é ese clérigo con esa capa?

O Pai

Meu fillo, é un parisino.

O Parvo

Máis parece un chícharo escaldado. ¡Guau!

O Pai

¿Que pasa? Calade por mor das Donas.

O Parvo

Se lle acordaran os arreconchegos, estaría menos orgulloso.

Ricacho

¡Ehem, ehé! Mestre Adán, agora son dúas. Ben sei que esta é a vosa.

Adán

¿Que sabe este de reprobar nin de aconsellar? Non teño en conta cousa que el diga, nin eu son amancebado. Mais si o son outros máis importantes.

Mestre Henrique

Certo, o desaguisado foi ben grande, todo o mundo acusou ó papa, cando depuxo tantos bos cregos. Sen embargo, non será así, pois algúns dos máis poderosos e máis ricos manifestaron que atoparon fortes razóns, e demostrarán moi claramente que ningún crego merece legalmente, por mor do matrimonio, ser sometido; ou entón o matrimonio é moito peor ca permanecer en amancebamento. ¿Como os prelados teñen a vantaxe de teren mulleres de recambio sen mudaren o seu privilexio e un crego perde a súa inmunidade por casar na Santa Igrexa cunha muller que foi doutro home? ¡E os fillos de puta, ladróns, de quen debemos de recibir o noso sustento mantéñense en pecado de luxuria e, con todo, disfrutan do seu ministerio! Roma fixo, dunha boa terceira parte dos cregos, servos e desanimados.

Xiliño

Plumus ben manifestou que, se non falla a súa clerecía, ha recobrar o que lle quitaron anque lle custe un cuartillo de estopas. O papa que desto tivo a culpa ten sorte de estar morto: por moi poderoso e forte que fose estaría agora deposto. Malia del, se algunha vez ousase quitarlle o privilexio de crego, pois Plumus houbéralle dito "esprec", e feito o escaravello.

Lelo

É moi sabido se non chochea. Pero Madot e Xil de Sains non se gaban menos deso. Mestre Xil será o avogado, e expoñerá os argumentos para volver ter o seu privilexio. E di que el poñería o saber se Xoán Crespín pon os cartos. E Xoán prometeulles que ha poñer a pasta gansa, pois estaría moi doído se lle poñen talla. Fará o gasto para pagalo todo.

Mestre Henrique

Mais preto de min hai dous veciños, na Cidadela, que son bos notarios, pois gábanse moito de faceren por nada todos os escritos do preito, e teñen a cousa por moi fea porque ambos os dous son amancebados.

Xiliño

¿Quen son?

Mestre Henrique

Colart Chingaama, e mais Xil de Bouvignies. Estes farán os escritos de bon grado, e preitearán á vez por todos.

Xiliño

¡He hem! Mestre Henrique, pois vós tivestes máis dunha muller, e, se queredes ter a súa axuda, convenvos pór a vosa cota.

Mestre Henrique

¿Xiliño, burládesvos de min? ¡Por Deus! Non teño nin chisco de diñeiro: non vou vivir moito máis, e mais non me é mester preitear. Non me cómpre temer as tallas por cousa que eu teña. Que escollan a María a Pega, tamén ela sabe dabondo de preitos.

Xiliño

Mais certamente, moito amoreades.

Mestre Henrique

Deso nada. Lévao todo o viño. Servín moito tempo ós rexedores, e non quero estar contra eles. Perdería cen soldos antes de me poñer a mal con eles.

Xiliño

Sempre estades co máis forte: a eso vos atendes, mestre Henrique. Abofé, velaquí outra mostra das vellas mañas.

O Parvo

¡Ei! ¡Ei! Este dixo que me apretasen o pescozo. Vouno matar.

O Pai do Parvo

¡Ai! Meu querido fillo, déixate estar. El fala dos amancebados.

O Parvo

Aquí me tendes de papa. Facédeo vir diante miña.

O Monxe

¡Ai de min! ¡Deus! ¡Que grato é escoitar a este parvo! Pois fala marabillas. ¿Bo home, di tantas parvadas cando está lonxe da xente?

O Pai

Señor, nunca é doutro xeito. Sempre desvaría ou canta ou berra. E nunca sabe o que fai, nin moito menos o que di.

O Monxe

¿Canto hai que lle entrou o mal?

O Pai

Abofé, señor, hai ben dous anos.

O Monxe

¿E de onde sodes?

O Pai

De Duisans. Veño coidando del con grande quebranto. Mirade como move a cabeza: o seu corpo nunca está en repouso. Lévame escachado polo menos duascentas olas; pois eu son oleiro na nosa vila.

O Parvo

Téñolle oído a Hesselín cantares de Anseís e de Marsín. ¿Digo verdade? Testemuña, esta labazada. ¿Van ben os meus trinta soldos? Báteme tanto este loubán, que semello unha pelota.

O Pai

O rapaz non sabe o que fai. Ben se ve, cando lle peta ó seu pai.

O Monxe

Meu bo home, pola alma da túa nai, obra ben: lévao para casa. Mais antes di aquí a túa oración e ofrece algo de teu, se o tes, pois está canso de tanto velar. E mañá volverás traelo aquí, cando durma un pouco. E amais non fai senón barullo.

O Parvo

¿Diche este monxe que me petes?

O Pai

Non. Meu fillo, ímonos. Tomade, agora non teño máis cartos. Meu fillo, vaiamos durmir un pouco, e tomemos licencia de todos.

O Parvo

¡Guau!

Ricacho Ourive

¿Que pasa? ¿Haberá hoxe máis liortas? ¿Non teremos hoxe máis ca parvos e parvas?¿Señor monxe, queredes obrar ben? Poñede a salvo o voso relicario. Eu ben sei que, se por vós non fora, hai xa tempo que aquí mesmo farían grandes marabillas as fadas: dona Morgae as súas compañeiras estarían sentadas agora a esta mesa; pois está establecido polo costume que elas veñan nesta noite.

O Monxe

Meu señor, non vos anoxedes. Xa que así é, ireime. Hoxe non collerei máis ofrendas. Mais permitídeme polo menos quedar aquí e que vexa esas grandes marabillas. Non as crerei ata que vexa o porqué.

Ricacho

Entón calade todos e acougade. Non coido que tarde. Pois é case a hora. Elas están agora de camiño.

Xiliño

Sinto a estadea do Trasno. Na miña opinión, vén el diante, soando moitas chocas. E creo que están preto de aquí.

A Muller Gorda (pode ser Dona Doce)

¿Entón virán tras del as fadas?

Xiliño

Que Deus me axude, creo que si.

Rainelete a Adan

¡Ai de min! Señor, hai perigo. Desexaría estar agora na miña casa.

Adán

Cala, todo é razoable: son fermosas mulleres engalanadas.

Rainelete

No nome de Deus, meu señor, son as fadas. Eu voume.

Adán

¡Senta, langrán!

Mallaparvos

¿Séntame ben o arrepío? ¿Que pasa? ¿Non hai máis ninguén aquí? Semella que me enganaron porque tardei moito, ou elas aínda non chegaron. Dicídeme, miña vella relambida: ¿estivo aquí a fada Morga, ou ela e as súas compañeiras?

Dona Doce

Non, certamente, eu non as vin. ¿Han vir elas por aquí?

Mallaparvos

Han, si; e comer a lecer, tal como me deron a entender. É preciso que as agarde aquí.

Ricacho

¿Dime, de quen es ti, barbudiño?

Mallaparvos

¿Quen? ¿Eu?

Ricacho

Si, ti.

Mallaparvos

Do rei dos Trasnos, que me enviou aquí cunha mensaxe para a miña señora Morga a sabia, a quen o meu señor ama con amor. E agardareina por aquí, pois as fadas citáronme neste lugar.

Ricacho

Sentade entón, señor correo.

Mallaparvos

Con pracer, ata que veñan. ¡Oh! ¡Velaí as veñen!

Ricacho

Certo, son elas. Por Deus, agora non digamos nin palabra.

Morga

¡Ei! Sexas benvido, Mallaparvos. ¿Que fai o teu señor dos Trasnos?

Mallaparvos

Señora, como voso leal amigo, saúdavos. Marchei onte de onda el.

Morga

¡Deus vos benzoe a vós e a el!

Mallaparvos

Señora, encargoume dun asunto que quere que vos diga no seu nome, e oirédelo cando vos praza.

Morga

Mallaparvos, senta aí un pouco; logo te hei de chamar. Vamos, Magloria, adiante, e vós, Arsila, tras ela, e eu sentarei aquí, a carón de vós neste cabo da mesa.

Magloria

¡Vaia! Estou sentada nun sitio onde non puxeron coitelo.

Morga

Eu ben sei que teño un bo.

Arsila

E eu tamén.

Magloria

¿E que quere dicir que aquí non haxa ningún? ¿Son a peor? Vállame Deus, pouco me estimou quen estableceu ou decidiu que fose a única sen coitelo.

Morga

Señora Magloria, non vos preocupedes, pois nós aquí temos dous.

Magloria

Para min é tanto máis grande a mágoa canto que vós os tendes e eu non.

Arsila

Non vos importe, señora; así ocorre. Creo que non se decataron.

Morga

Mira, miña querida compañeira, que fermoso, claro e nidio é aquí todo.

Arsila

É xusto que aquel que se ocupou de prepararnos tal lugar reciba de nós un bo don.

Morga

Así sexa, por Deus. Mais non sabemos quen é el.

Mallaparvos

Señora, antes de que todo estivese listo, cheguei aquí cando estaban instalando a mesa e poñéndoa. Dous cregos ocupábanse deso, e oín que esas persoas se chamaban, un deles Ricacho Ourive, e o outro Adán, fillo de mestre Henrique. Este andaba cunha capa.

Arsila

É moi xusto que se lles torne en ben, e que cada unha de nós poña un don. ¿Señora, que lle daredes a Ricacho? Comenzade vós.

Morga

Doulle un don fermoso: quero que teña diñeiro en abundancia. Tocante ó outro, quero que sexa o máis grande namorado que se poida atopar en ningún país.

Arsila

Tamén quero que sexa ledo e bo trobador de cantigas.

Morga

Aínda falta para o outro un don. Comezade.

Arsila

Señora, decido que toda a súa mercadoría lle vaia ben e se multiplique.

Morga

Señora, agora non lles fagades tal feo que non teñan de vós ningún ben.

Magloria

De min, certamente non terán nada. Deben quedar sen ningún fermoso don, pois eu quedei sen coitelo. ¡Maldito sexa quen nada lles dea!

Morga

¡Ai! Señora, non ocorrerá que de vós non reciban nada, por pouco que sexa.

Magloria

Miña señora, se vos prouguer, agora dispensádeme.

Morga

Cómpre que o fagades, señora, se en algo nos estimades.

Magloria

Digo que Ricacho debe ser pelado e que non teña nin un pelo por diante. En canto ó outro, que se anda gabando de ir á escola a París, quero que se envileza coas compañas de Arrás e que se esqueza entre os brazos da súa muller, que é branda e tenra, ata que perda e odie os estudios e que aprace a súa viaxe.

Arsila

¡Ai de min! ¡Señora, que dixestes! Por Deus, esquecédevos deso.

Magloria

Pola alma sobre a que o meu corpo repousa, será tal como eu digo.

Morga

Certamente, señora, disgústame este asunto. Arrepíntome tanto que máis non podo, pois nunca nada hoxe vos pedín. Coidaba, por estas miñas mans, que eles deberían recibir de vós polo menos cadansúa fermosa alfaia.

Magloria

Antes han pagar caro o coitelo que lles esqueceu poñer aquí.

Morga

Mallaparvos.

Mallaparvos

Señora.

Morga

Se tes unha carta ou algo que dicirme no nome do teu señor, adiántate.

Mallaparvos

¡Deus volo pague! Tamén a min me corría présa. Tomade.

Morga

Abofé, é ansia perdida. Nela requíreme de amores, mais eu tornei o meu corazón cara a outra parte. Dille que malgasta o seu esforzo.

Mallaparvos

¡Ai de min! Señora, non ousaría: botaríame ó mar. Sen embargo, señora, non podedes amar a ninguén de máis valía ca el.

Morga

Si que podo.

Mallaparvos

¿Señora, a quen?

Morga

Un doncel desta vila, que vale máis ca cen mil, por quen en balde nos esforzamos.

Mallaparvos

¿Quen é?

Morga

Roberto Durmichón, entendido en armas e en cabalos. Por min lida de arriba abaixo por todo o país da Táboa Redonda. Non o hai máis valente en todo o mundo nin quen se saiba neso mellor valer. Ben se viu en Montdidier onde lidou mellor ou peor. Aínda se doe do peito, dos ombros e dos brazos.

Mallaparvos

¿Non é un de verdes roupas, cunha raia vermella?

Morga

Nin máis nin menos.

Mallaparvos

Ben o sabía. O meu señor ten ciúmes del desque lidou a outra vez, nesta vila, no mesmo Mercado. De vós e del se gababa. E así que empezou a correr, o meu señor agachouse no po e fíxolle a cambadela ó cabalo de xeito que fixo caer o mozo sen lle atinar ó seu compañeiro.

Morga

Abofé, moito se burlan del. A pesar deso paréceme moi valente, pouco falador, tranquilo e discreto, e ninguén ten mellor boca. A súa persoa tócame tanto o corazón que o amarei. ¿E que?

Arsila

Non tendes o corazón nos pés, señora, se pensades en tal home: verdadeiramente entre o Lys e o Somme non o hai nin máis falso nin máis argalleiro. Ademais só desexa subir no machiño, en canto chega a un lugar.

Morga

¿É así?

Arsila

É tal.

Morga

¡Que a man de Deus me persigne e benzoe! Por moi deshonrada me teño agora, pois pensaba en tal enredante e deixaba por el ó máis grande príncipe que haxa no país das fadas.

Arsila

Agora acordastes ben, señora, pois vos arrepentides.

Morga

Mallaparvos.

Mallaparvos

Miña señora.

Morga

Lévalle da miña parte un saúdo cariñoso ó teu señor.

Mallaparvos

Miña dona, douvos as gracias de parte do meu gran señor e rei. ¿Señora, que é aquelo que vexo alá naquela roda? ¿Son persoas?

Morga

Non, son fermosas alegorías. E a que ten a roda emparenta con todas nós. Mais é, desque naceu, muda, xorda e cega.

Mallaparvos

¿Cal é o seu nome?

Morga

Fortuna. Ela é igual para todos, e ten todo o mundo nas súas mans. A un faino pobre hoxe, rico mañá, non sabe a quen eleva. Por eso, non debe confiar nela ninguén, por moi alto que estea encumiado. Pois, se a roda vira a mal, cómprelle volver para baixo.

Mallaparvos

¿Señora, quen son aqueles dous de alá arriba que parecen tan grandes señores?

Morga

Non é bo dicilo todo: agora dispensádeme.

Magloria

Mallaparvos, direicho eu. Pois que estou aborrecida, en todo o día a ninguén lle hei perdoar. Non hei dicir xa senón afrontas. Aqueles dous de alá arriba son homes do conde e máis señores da vila. Fortuna deulles honra. Cada un deles no seu posto é rei.

Mallaparvos

¿Quen son?

Magloria

Son don Ermanfrido Crespín e don Xácome Louchart.

Mallaparvos

Ben os coñezo, son agarrados.

Magloria

Polo menos reinan ogano e os seus fillos van indo ben, que han querer reinar despois deles.

Mallaparvos

¿Quen son?

Magloria

Velaí polo menos dous. Todos seguen pola man a seu pai... ... Non sei quen é o que se panda.

Mallaparvos

¿E aqueloutro que afociña alá roubou xa dabondo?

Magloria

Non, é Tomé de Burriana, que adoitaba ser o home do conde; mais agora Fortuna desmóntao e vólveo co de arriba para abaixo. Así e todo botáronse a el e fixéronlle dano sen razón. Mesmo á súa casa lle quixeron facer gran mal.

Arsila

Pecou quen así o matou, non era mester eso, pois deixou o seu oficio de tecer para estilar cervexa.

Morga

É Fortuna quen o abaixa. Non o tiña merecido.

Mallaparvos

¿Señora, quen é estoutro que vai tan espido e descalzo?

Morga

Ese é Lourenzo Cabeliños, xa non pode máis erguerse.

Arsila

Señora, ben pode, si, erguer algunha cousa fermosa en alto.

Mallaparvos

Dona, a miña vontade aconséllame que me volva axiña co meu señor.

Morga

Mallaparvos, dille que se alegre e que poña sempre boa cara, pois serei a súa querida amiga sempre xamais mentres eu viva.

Mallaparvos

Miña señora, con estas, ireime.

Morga

Ben, dillo claramente, e mais lévalle este agasallo da miña parte. Toma, bebe antes, se queres.

Mallaparvos

¿Séntame ben o arrepío?

Morga

Miñas señoras, se vos prace, paréceme que sería o momento de nos ir, antes de que amencese. Non nos demoremos máis aquí, pois non convén que vaiamos de día por lugares por onde non pase home ningún. Imos axiña cara ó Prado, eu ben sei que alí nos agardan.

Magloria

Veña axiña, vaiamos para alá. As vellas da vila agárdannos alí.

Morga

¿É unha argallada?

Magloria

Mirade, por eso, Dona Doce vén cara a nós.

Dona Doce

¿E agora que ocorre, miñas señoras? É gran fastío e vergoña que tardastes tanto. Estiven toda esta noite na vangarda, e a miña filla tamén agardou toda a noite na Cruz do Prado. Esperamos por vós alí e agardámosvos polas rúas. Fixéstesnos velar moito.

Morga

¿Por que, Doce?

Dona Doce

Fixéronme e dixéronme burlas diante da xente. Un home a quen lle quero botar a man. Mais, se podo, acabará no cadaleito, ou revirado co de diante para atrás, cara ós pés ou cara ás mans. De contado o daría posto a xeito no seu leito, como fixen, o ano pasado, con Xácome Mallaervellos e, estoutra noite, con Xil Laneiro.

Magloria

Vamos, iremos axudarvos. Collede convosco a vosa filla Inés, e unha que vive na Cidadela, que nunca del ha ter compaixón.

Morga

¿A muller de Goterre o Mulo?

Dona Doce

Esa mesma. Ide diante e eu seguireivos.

As Fadas Cantan

A galanura vai,

por onde eu vou.

O Monxe

¡Ai de min! ¡Deus, canto durmín!

Lelo o Mercador

¡Nosa Señora! E eu estiven sempre en vela. Vamos, bulide xa.

O Monxe

Irmán, antes hei comer, pola fe que lle debo a santo Acario.

Lelo

¿Monxe, queredes entón comer ben? Imos á casa de Raúl o Argalleiro: ten algunhas sobras de onte, pode ser que nolas dea.

O Monxe

Con pracer. ¿Quen me ha levar alí?

Lelo

Ninguén vos ha levar mellor ca min, e alí atoparemos, coido, compañía que acode decote, agradable, que nunca pelexa: Adán, o fillo de mestre Henrique, Becerrín, Ricacho Ourive, e Xiliño o Pequeno, creo.

O Monxe

Santo Deus, de acordo. Tamén van ben as miñas cousas. Toma, velaquí unha filloíña, que ma deu non sei que pobre diaño. Non cha hei de ter en conta, mais será só o comezo.

Lelo

Imos entón antes de que a xente encha a taberna. Mirade, a mesa xa está posta, e velaí a carón a Ricacho. ¿Ricacho, vistes ó taberneiro?

Ricacho

Vin si, está aí dentro. ¡Raulete!

O Taberneiro

Aquí estou.

Lelo

¿Quen se ocupa de sacar o viño? ¿Non hai máis?

O Taberneiro

¡Señores, sede benvidos! ¡Por san Xil, heivos facer boa festa! Sabede o que se abilla nesta vila. Probade, véndoo co permiso dos rexedores.

O Monxe

Encantado, bota aquí.

O Taberneiro

Este é viño, ¿non si? Non se bebe tal nos mosteiros. E máis asegúrovos que este ano non veu de Auxerre.

Ricacho

Entón deixádeme agora, por favor, un vaso, e sentemos no chan. E será neste recanto onde hemos poñer o xerro.

Xiliño

Está ben.

Ricacho

¿Quen vos chama, Xiliño? ¡Xa non pode un estar a gusto!

Xiliño

Non fostes vós, Ricacho. Non me podo gabar moito de vós. ¿Que é esto? ¿Noso señor santo Acario fixo aquí milagres?

O Taberneiro

¿Xiliño, estades tolo? Calade. ¡En mala hora sexades vidos!

Xiliño

¡Oh! Meu taberneiro, non digo máis nada. Lelo, preguntádelle a Raulete se lle quedan algunhas sobras que deixara onte á noite na despensa.

O Taberneiro

Queda, si; un arenque de Yarmouth, sen máis, Xiliño, ben vos oio.

Xiliño

Ben sei que este é o meu. Lelo, agora pedídelle o voso.

O Taberneiro

Ordénoche que quites del a gadoupa, e que partas con todos. Non convén ser gallofeiro coas viandas.

Xiliño

¡Boh! É por brincar.

O Taberneiro

Pousade logo o arenque.

Xiliño o Pequeno

Aquí o tes, non o hei probar, mais hei catar un pouco deste viño antes de que lle boten auga. Certamente xa foi bautizado, e máis cheira un pouco a picado.

O Taberneiro

Non digades mal do noso viño, Xiliño, e seredes cortés. Somos compañeiros, así que non lle poñades chatas.

Xiliño o Pequeno

Eu non o fago.

Lelo o Mercador

Mira como mestre Adán fai o discreto porque vai ser escolar. Acórdame cando sentaba de gana connosco para xantar.

Adán

Meu señor, mais cómpre madurar. ¡Por Deus! Non o fago por outra cousa.

Mestre Henrique

¡Veña, por Deus! Por eso non vales máis. Ben que vas a ela cando eu non estou.

Adán

¡Por Deus! Señor, non irei hoxe se vós non vindes comigo.

Mestre Henrique

Veña entón, pasa diante. Aquí me tes.

Lelo o Mercador

¡Ai de min! ¡Deus! ¡Que escolar tan feito! ¡Van ben empregados nel os cartos! ¿Fan así os outros en París?

Ricacho

Mira, este monxe adormeceu.

O Taberneiro

Agora escoitádeme todos: botémoslle ó lombo todo o que se debe e que Lelo xogou por el.

O Monxe

¡Ai de min! ¡Deus! ¡Canto tardei! ¿Taberneiro, como van as nosas cousas?

O Taberneiro

Meu cliente, non debedes case nada. Habedes saldar moi ben a conta. Non vos aborrezades, neso penso. A min debédesme doce patacos. Dádelle as gracias ó voso bo amigo, que os perdeu por vós.

O Monxe

¿Por min?

O Taberneiro

Certamente.

O Monxe

¿Débovos todo eso?

O Taberneiro

Debedes, si.

O Monxe

¿Estiven logo roncando? Sacaría tan bo proveito, seméllame, na rúa das Trampas. El non xogou ós dados no meu nome nin a demanda miña.

O Taberneiro

Velaquí a palabra de cada quen disposta a xurar que foi por vós por quen xogou.

O Monxe

¡Ei! ¡Deus! ¡Que xogo xogaría convosco, meu taberneiro, quen vos quixera crer! Senta mal vir beber aquí pois que tanto se asoballa á xente.

O Taberneiro

Monxe, pagade; veña, o diñeiro que me debedes. ¿Queredes liorta?

O Monxe

¡Antes me volva coma o tolo desta noite!

O Taberneiro

Aínda que vos pese e vos anoxe, agardaredes aquí dentro o canto do galo, ou deixarédesme aquí o hábito. Quedaredes vós co corpo e eu coa cortiza.

O Monxe

¿Taberneiro, quitarédesmo logo á forza?

O Taberneiro

Se non me pagades, si.

O Monxe

Ben vexo que son asoballado, mais será a derradeira vez. Daquela ireime antes de que veña cunha nova conta.

O Físico

Monxe, por esta miña cabeza, non sodes parvo se vos ides. Seguro, señores, estádesvos matando. Acabaredes todos paralíticos, ou teño a medicina por falsa, cando destas horas estades aquí.

Xiliño

Doutor, estades ben tolo, pois non dou un can pola vosa ciencia. Sentade no chan.

O Físico

Veña, por unha vez dádeme, se vos prace, de beber.

Xiliño

Tomade, e comede esta pera.

O Monxe

Meu taberneiro, escoitade un pouco. Fixestes negocio á miña conta. Quedade un tempo coas miñas reliquias, pois agora non teño cartos. Desempeñareinas mañá.

O Taberneiro

Ídevos, están en mans seguras.

Xiliño

¡Certo, meu Deus!

O Taberneiro

Agora podo predicar. Requírovos por santo Acario, a vós, mestre Adán, e a vós, Lelo, prégovos que orneedes ambos e fagades grandes solemnidades a ese santo polo que bebemos, aínda que de xeito estraño.

Os Compañeiros cantan

Sedíase Aia no alto da torre.

Meu taberneiro, ¿está ben cantado?

O Taberneiro

Ben vos podedes gabar, pois nunca se cantou tan ben.

O Parvo

¡Fóra! ¡Lume! ¡Lume! ¡Lume! Canto tan ben coma eles.

O Monxe

¡Polos cen demos que vos trouxeron! Non me facedes senón mal. Non teño por sabido a voso pai cando aquí vos trouxo.

O Pai do Parvo

Certamente, señor, síntoo. Mais non sei que facer, pois, se non vén a santo Acario, ¿onde irá buscar a saúde? De verdade, xa me ten costado tanto que me cómpre mendigar o meu pan.

O Parvo

Pola morte de Deus, morro de fame.

O Pai do Parvo

Tomade, comede logo esta mazá.

O Parvo

Mentides, é unha pluma. Mirádea, xa está en París.

O Pai

¡Meu Deus queridiño, que vergonza, que ruína e que desgracia a miña!

O Monxe

Certo, mais estavos moi ben empregado ¿Por que o traedes aquí?

O Pai

¡Eh! Señor, non faría tampouco na casa senón maldades. Onte atopeino todo emplumado e agochado na súa colcha.

Mestre Henrique

¡Deus! ¿Quen é o que aí empina o cóbado? ¡Bebe ben! ¡Borra-cho! ¡Borracho! ¡Borracho!

Xiliño

Polo amor de Deus, quitemos todo, pois se este tolo se nos bota enriba,.......... Colle o mantel, e ti, ten o xerro.

Ricacho

Pola fe que a Deus lle debo, eu tamén o digo. Antes de que nos ocorra unha desgracia, cada un de nós colla o seu cacharro. Xa levamos trasnoitado tempo bastante.

O Monxe

Taberneiro, lévasme esplumado dabondo, aínda que aquí os hai máis ricos. Así e todo, veñan aquí as miñas reliquias. Aquí tendes os doce patacos que vos debo. Renego de vós e da vosa taberna. ¡Se volvo aquí, que o demo me leve!

O Taberneiro

Nunca vos forzarei a eso. Tomade as vosas reliquias.

O Monxe

¡Veña xa! ¡Maldito sexa quen aquí me trouxo! Non adoito tales feitos.

Xiliño

¿Di, Lelo, hai algo máis que facer? ¿Esqueceunos algunha cousa?

Lelo

Non, xa quitei todo. Quedemos a ben co taberneiro.

Xiliño

Mais iremos antes, se me credes, darlle un bico ó relicario da Nosa Señora, e ofrecermos esta candea, para que arda. As nosas cousas irannos mellor.

O Pai

Veña xa, erguédevos, meu fillo, aínda teño por vender o meu trigo.

O Parvo

¿Que ocorre? ¿Querédesme levar a aforcar, fillo de puta, ladrón probado?

O Pai

Calade. ¡Oxalá estivesedes enterrado, tolo cheirento! ¡Que Deus vos deshonre!

O Parvo

Pola morte de Deus, mexan por min dende alá arriba, tal me parece. Falta pouco para que vos esgane.

O Pai

¡Ai de min! Apaña logo esta vareada.

O Parvo

¿Botei xa o ruído do cu?

O Pai

De nada vale, habedes vir comigo.

O Parvo

Imos, son o noivo.

O Monxe

Non saco proveito ningún aquí, pois que esta xente se vai e non quedan xa senón mociñas, nenos e rapazada. Veña, imos cara a san Nicolás e comeza a tocar as chocas.