|
Era unha vez unha terra moi seca, chamada Raizame, e os seus habitantes tiñan necesidade de ir buscar auga a cotío para poder vivir. En Raizame non había lagos nin ríos, pero lonxe de alí atopábanse varios oasis, onde medraban grupos de palmeiras rodeadas de herba e de flores. Nalgúns deses oasis había mananciais de auga fresca e transparente que xurdían á superficie e formaban pociñas pouco fondas. Tódolos días, a xente de Raizame tiña que ir andando moitas leguas ata o manancial máis preto, para colle-la auga que necesitaban para beber e cociñar e para a limpeza diaria. Ás veces o caudal dos mananciais era tan baixo e había tanta xente collendo auga, que aqueles que ían algo tarde volvían para a casa cuns poucos gurruchos para as mulleres, os nenos e os vellos. Nunha ocasión un home de Raizame que fora a un oasis en busca da auga de cada día atopouse con que o manancial xa non botaba auga. Desesperado pola necesidade que tiña dela, deu en matinar e pensou que se nese lugar a auga xurdía normalmente, tiña que vir dunha fonte ou dun río subterráneo. Con esta idea na cabeza, colleu unha pa, e púxose a cavar. Despois de moitas horas de traballo, atopou un río subterráneo, que era a fonte do manancial. Meteu o seu caldeiro dentro do río que acababa de descubrir e bebeu a apracer. Outra moita xente fora ese día ó oasis, e a maioría tivera que volver para a casa coas mans baleiras. Algúns dos que foran aínda estaban alí cando o home que cavou atopou a auga, e tolos de alegría tentaron enche-los seus caldeiros. Pero o cavador do pozo, vermello de carraxe afastábaos do manancial batendo neles coa pa. «¡Eu teño auga porque cavei eu só este pozo!» – berrou. «¿ Pensades que podedes vir agora e coller tranquilamente o que eu producín?». Alguén, de entre a multitude, respondeu: «Nós somos pobres e temos moi pouco, pero necesitamos auga, para non morrer. Eu só teño dous peniques e dareichos por un caldeiro de auga. «O home que cavara o pozo concordou no trato, e ofreceulles o mesmo cambio ós demais. Aqueles que tiñan dous peniques pagaron e encheron os seus caldeiros. Os que non os tiñan volveron para a casa cos caldeiros baleiros. E así o home que cavara o pozo deuse conta de que, sendo dono del, se distinguía do resto da xente de Raizame. Para manter esta distinción, construíu un muro ó redor do pozo de maneira que non puidesen pasar os demais, así só poderían conseguir auga se lle pagaban os dous peniques. O home fíxose rico cos peniques que recollía e comezou a ser coñecido como o capitalista. De seguida outros homes de Raizame oíron o que pasara neste oasis, e animáronse a face-lo mesmo coa boa sorte do capitalista. E apoderáronse dos outros oasis, onde ía coller auga a xente de Raizame que non tiña peniques. Cavaron pozos e desviaron os ríos subterráneos, de maneira que a auga non volvese a xurdir nas fontes e mananciais públicos. Construíron peches ó redor dos seus pozos para que ninguén puidese coller auga sen o seu permiso, e só daban auga a aqueles que lles pagaban. Todos estes homes comezaron a ser coñecidos como os capitalistas. Pero en Raizame a xente estaba sedenta, e os que tiñan peniques eran cada vez menos. Suplicáronlles ós capitalistas que lles desen auga, pero estes contestaron: «Non podemos facer iso, porque entón volveriámonos tan pobres coma vós, e morreriamos con vós. Pero se queredes se-los nosos criados darémosvos auga». E así foi como os habitantes de Raizame se converteron nos serventes dos capitalistas, que os organizaron en grupos con supervisores e encargados. Puxeron a algúns a cavar pozos, a outros a construír unha bomba hidráulica, e a outros a buscar novos mananciais. Algunha xente foi contratada para construír un tanque no centro da vila que gardase a auga, e a ese tanque chamáronlle o Mercado. Os capitalistas dixeron: «Por cada caldeiro de auga que saquedes dos nosos pozos, que traiades e baleiredes no Mercado, pagarémosvos un penique. Pero teredes que comprarnos a dous peniques o caldeiro de auga que saquemos do tanque para que vós e as vosas familias poidades cociñar, beber e lavar. A diferencia serán os nosos beneficios. Se isto non nos dá estes beneficios non poderemos facer nada por vós, e todos morreredes.» A xente de Raizame alegrouse de que os capitalistas arranxaran dunha vez a perenne penuria de auga, e estaba agradecida polo traballo que lles permitía gañar cartos para comprala. Tódolos días traían auga ó tanque dilixentemente, e por cada caldeiro que levaban os capitalistas pagábanlles un penique. Pero por cada caldeiro de auga que os capitalistas sacaban do Mercado para darllo á xente recibían dous peniques. De alí a uns días, o Mercado desbordou, xa que por cada caldeiro que botaban nel, só recibían suficiente para comprar medio caldeiro. Por culpa do excedente que quedaba de cada caldeiro, o Mercado reverteu. A xente era moita e os capitalistas poucos, e non podían beber máis cós outros. Cando os capitalistas viron que o Mercado revertía, dixéronlle á xente que non trouxese máis auga ata que o tanque estivese baleiro. Pero daquela maneira, a xente non podería gañar máis peniques dos capitalistas polos caldeiros de auga que levasen, e non podían comprar auga do Mercado. Cando os capitalistas viron que non tiñan máis beneficios porque ninguén lles compraba auga, preocupáronse. Decidiron que tiñan que anunciarse, e mandaron a uns homes a berrar: «Se hai sede, deixádea vir ó Mercado. Comprádenos auga». Pero a xente contestou: «Non poderemos comprar a menos que nos contratedes; se non o facedes ¿cómo poderemos gañar cartos? Contratádenos, como antes, e comprarémosvos auga, porque estamos sedentos, e ademais así non teriades necesidade de anunciarvos». Os capitalistas replicaron: «¿Contratarvos para traer auga cando o Mercado está xa está revertendo? Primeiro tedes que mercárno-la auga, e cando o tanque estea baleiro, volverémosvos a contratar outra vez.» A xente non traballaba, e por esta razón non podía mercar auga. Os xograres e trobadores contaban no estranxeiro que Raizame estaba en crise. O pobo estaba máis sedento ca nunca, porque agora non podía ir busca-la auga ós oasis coma fixeran os seus devanceiros. Os capitalistas colleran tódolos mananciais, os pozos, e tamén eran donos das bombas hidráulicas e mailos caldeiros, de xeito que no único sitio onde se podía conseguir auga era no Mercado. A xente suplicaba ós capitalistas: «¡O tanque está cheo! ¡Por favor, dádenos auga! ¡ Non queremos morrer!» Os capitalistas contestaban: «A auga é nosa. Se a queredes, tédela que comprar». E xustificaban a súa actitude repetindo coma unha especie de xuramento entre eles: « Os negocios son os negocios». Pero estaban preocupados, porque case non vendían auga. Dicían: «Parece que os nosos propios beneficios impiden novos beneficios; e a causa dos beneficios que xa fixemos non podemos facer máis beneficios. ¿Como é que os nosos negocios xa non son rendibles, e que as nosas ganancias nos fan empobrecer? Teremos que mandar busca-los adiviños para que nos interpreten todo isto que está pasando.» Preguntáronlles ós adiviños e estes déronlles distintas respostas. Un culpaba á sobreproducción, outro dicía que o fracaso se debía a que a xente de Raizame non sabía aforrar, e outro, incluso, botáballe a culpa á falta de confianza do pobo. Os capitalistas mandaron ós adiviños a falar cos habitantes da vila para dicirlles que se agora tiñan sede era debido a que había moita auga. A xente enfureceuse e botou ós adiviños a pedradas, gritando: «¿Queredes brincar con nós? ¿Dende cando a abundancia trae a fame? ¿Como é posible que nós non teñamos nada habendo tanta fartura?» Cando os capitalistas viron esta furiosa revolta, tiveron medo de que a xente asaltase o tanque de auga. Foi por iso que mandaron ós seus homes sagrados, que eran falsos sacerdotes, a calma-la multitude. Os falsos sacerdotes dixéronlle a xente que a súa terrible sede era unha aflicción que Deus lles mandaba para proba-las súas almas, e que debían soportala o mellor que puidesen, con paciencia e sen incomodar ós capitalistas. Despois quixeron demostrar a xenerosidade dos capitalistas indo ó Mercado, e mollando as puntas dos dedos no tanque que revertía e deixando cae-las pingas sobre as cabezas da xente que ateigaba as proximidades do tanque. Estas pingas de auga chamáronse Caridade, e eran extremadamente amargas. Pero a multitude berraba cada vez máis. Como tanto os adiviños como os homes sagrados fracasaran na misión de calmar á xente de Raizame, os capitalistas chamaron despois a aqueles que soubesen de estratexia militar e de técnicas de guerra. «Si protexedes os nosos tanques, pagarémosvos, e así poderedes mercar auga para vós e para a vosa familia» – dixéronlles os capitalistas. E os homes da guerra foron convencidos pola sede que tiñan, empuñaron as súas espadas, e derribaron a xente que se aglomeraba onde o tanque. Durante os días seguintes os capitalistas fixeron fontes, estanques de peixes e xardíns de flores, e bañáronse na auga coas súas mulleres e mailos seus fillos, e gastaron a auga para a súa diversión. Cando o Mercado estivo baleiro, proclamaron «A crise xa rematou». E volveron contrata-la xente para traer auga dos pozos ó Mercado, e pagáronlles, coma antes, un penique por cada caldeiro. Pero por cada caldeiro que collesen do tanque cobraríanlles dous peniques. E así, de alí a un tempo, o mercado volvía reverter de novo, e de novo se espallou a noticia de que había de novo unha crise. Unha e outra vez o tanque revertía, e a xente de Raizame estaba sedenta. E cando, despois de sufrir unha verdadeira agonía, o Mercado estaba baleiro, a xente podía de novo merca-la auga que precisaba. E os continuos cheos e baleiros de auga do tanque foron chamados os ciclos do Mercado. Despois de moitos ciclos do Mercado, apareceron nesta terra algúns homes que foron chamados axitadores, porque instigaban á xente. E os axitadores dicíanlle a xente que debía asociarse, e que así non tería necesidade de servir de criados ós capitalistas, e non tería sede nunca máis. Os axitadores preguntáronlle á xente «¿Por que non podedes comprar auga do Mercado? Porque non tedes cartos. ¿Por que non tedes cartos? Porque por cada caldeiro que poñedes no Mercado recibides un penique, pero por cada caldeiro que colledes do Mercado tedes que pagar dous peniques, e os capitalistas deben obte-los seus beneficios. Así o tanque debe reverter, o encherse a causa da vosa carencia, facendo abundancia da vosa necesidade. ¿Non vedes que canto máis duro traballades, e con canta máis dilixencia traiáde-la auga, peor será para vós e non mellor? ¿E que isto é así por causa do sistema de beneficios, que manterá a xente de Raizame pobre para sempre? Os axitadores contaban esta historia sempre que tiñan oportunidade, onde puidesen, a quen os escoitase. Ó final a xente respondeulles: «Tendes razón. É por culpa dos capitalistas e dos seus beneficios que nós non recibímo-lo froito do noso traballo. Canto máis nos afanamos para enche-lo Mercado antes reverte, e nós non recibimos nada porque hai demasiada auga. ¿Pero, que podemos facer para rematar cos ciclos do Mercado?» E os axitadores responderon: «¿Que fan os capitalistas por vós, para que lles teñades que da-los beneficios do voso traballo? Vos colléde-la auga e transportádela, pero dos capitalistas só recibides un pouco da auga que vós traedes. Así é como podedes liberarvos desta escravitude: facede vós mesmos o que agora fan os capitalistas: dirixide o voso traballo, organizade os vosos grupos, e repartide as vosas tarefas. ¡Organizádevos vós mesmos! Establecede as vosas metas de producción segundo as necesidades de toda a poboación de Raizame, pero non con fins especulativos. Asignádelle a cada traballador unha tarefa para a que estea cualificado, e que traballe a gusto. Cando se canse desta tarefa, deixádelle atopar outra maneira de contribuír á producción. E, como cada persoa produce máis do habitual ata agora, e o producto do labor de cada traballador se multiplica pola cooperación entre uns e outros, permitide que cada home colla do Mercado canto precise. Entón non teredes ningunha necesidade dos capitalistas, e non produciredes beneficios para eles. Daquela compartiredes coma irmáns todo o froito do voso traballo, e así o tanque nunca reverterá ata que cada home estea saciado. E máis tarde, co excedente faredes pracenteiros estanques de peixes e fontes para deleitarvos, o mesmo que facían os capitalistas; pero agora será para o goce de todos.» E a xente de Raizame berrou ó unísono: «¡Igualdade, irmandade e liberdade, para sempre!» Os capitalistas oíron os berros e o que a xente dixera. E os adiviños oírono tamén, así como os falsos sacerdotes e os homes da guerra. E tremeron de medo, e dixéronse entre si «¡Este é o noso final!» E a xente fixo o que os axitadores lles aconsellaran facer. Pronto deixou de haber sede naquela terra, nin houbo ninguén que pasase fame, ou que estivese espido, ou que pasase frío, ou que sufrise calquera tipo de carencia. E cada home chamaba ó seu compañeiro «meu irmán», e cada muller chamaba á súa compañeira «miña irmá», porque todos eran para cada un dos outros como irmáns e irmás que vivían xuntos en unidade. E Raizame gozou de bendicións, de prosperidade e paz para sempre xamais. |