|
No xuño daquel ano, el pasou algún tempo na nosa casa de campo: sempre foi case que un membro da familia -o seu pai defunto fora amigo e veciño do meu-. O quince de xuño en Saraxevo mataron a Fernando. O día dezaseis pola mañá trouxeron xornais do correo. Meu pai saíu do despacho cun xornal vespertino de Moscova na man, pasou ó comedor onde miña nai, el mais eu aínda seguiamos tomando té, e dixo: -¡Pois ben, meus, évo-la guerra! En Saraxevo acaban de mata-lo príncipe herdeiro austríaco. ¡É a guerra! O día de San Pedro, á nosa casa acudiu moita xente -era o Santo do meu pai- e mentres xantamos, fíxose público o noso noivado. Mais, o día dezanove, Alemaña declaroulle a guerra á Rusia... En setembro, el veu á nosa casa por só un día e unha noite, para despedirse antes de partir para a fronte: daquela todos pensabamos que a guerra ía acabar pronto, e a nosa voda quedou adiada para a primavera. E veu o noso serán derradeiro. Despois de cearmos serviron, coma decote, té de samovar; o meu pai botou unha ollada sobre as ventás cos vidros embazados polo vapor do samovar e dixo: -Que outono o deste ano, tan temperán e tan frío... Naquel serán case que non falabamos, só de cando en vez intercambiabamos unhas palabras insignificantes, esaxeradamente acougadas, ocultando os nosos pensamentos e sentimentos íntimos. O que acababa de dici-lo pai sobre o outono foi dito tamén cunha sinxeleza finxida. Achegueime á porta do balcón, refreguei o vidro cun pano da man: no xardín, sobre o ceo negro, lucían as estrelas moi claras, que parecían de xeo, a súa luz intensa fería os ollos. O pai estaba fumando, apoiada a cabeza no respaldo da butaca e ollando distraidamente a lámpada que estaba pendurada riba da mesa e despedía moita calor; debaixo dela, a miña mamá, cos anteollos postos, cosía, moi atenta, un minúsculo saquiño de seda -todos sabiamos para qué había servir-. Era todo iso conmovedor e arrepiante. O meu pai preguntou: -E ti, ¿seguindo co teu propósito de marchar pola mañanciña e non despois do almorzo? -Si, co seu permiso, pola mañanciña -respondeu el-. Pésame moito, pero teño que facer na miña casa, algunhas disposicións que se precisan... O pai suspirou levemente. -Como queiras, amigo meu... Só que neste caso xa é hora que a nai e mais eu nos retiremos para durmir, témo-la firme intención de despedirnos de ti pola mañá... Miña nai ergueuse e fíxolle o sinal da cruz ó seu futuro fillo, el rozou cos beizos a súa man e despois a do pai. Seguimos os dous no comedor. Ocorréuseme facer un solitario -el, silandeiro, ía e viña pola peza, despois dixo: -¿Damos unha voltiña, se queres? Sentíame cada vez co ánimo máis magoado, respondín cun ton indiferente: -Vale No vestíbulo, pondo o seu abrigo, el seguiu pensando nas súas cousas. Despois, cun sorriso xentil, citou uns versos de Fet1: ¡Que frío nos vén este outono! -Non teño capote -dixen-. ¿E o que segue? -Non me lembro. Algo así: Entre os piñeiros anegrados -¿Que lume? -O luar, creo. Hai un feitizo outonizo e aldeán nestes versos: "Pon o teu chal e o capote" Os tempos dos nosos avós e avoas ¡Ai, meu Deus! -¿Que che pasa? -Nada, miña boa amiga. De tódolos xeitos, estou un pouco tristeiro. Estou tristeiro, mais estou ben. Quérote moito, moito, moito Postos os abrigos, polo balcón do comedor baixamos ó xardín. Primeiro, parecéronme tan mestas as tebras que ía termando da manga del. Despois, o ceo fíxose máis claro, debuxáronse nel ponlas negras, salpicadas con estreliñas de carazo, brillantes coma se fosen minerais. El parou, ollou para a casa: -Mira as ventás da casa, como relocen. É unha luz moi singular, outoniza. Se quedo vivo sempre me hei lembrar deste serán... Ollei as ventás, el apertou os meus ombros, abrigados por unha esclavina traída de Suíza. Apartei da miña cara o manteliño de la peluda, presenteille o rostro para que me bicase. Beixoume, fitoume ós ollos: -Como che brillan os ollos -dixo-. ¿Non tes frío? O aire é case de inverno. Se me matan, ¿non me vas esquecer de seguida? Pensei: "¿E se o matan de verdade? ¿Serei capaz de esquecelo, pasado algún tempo, xa que, ó final, todo se esquece?" E respondín apresurada, asustada polo meu pensamento: -¡Non o digas! Non te poderei sobrevivir. Despois dun breve silencio, el pronunciou a modo: -Ben, se me matan, heite esperar aló. Vive, goza da vida, despois ven onda min. Chorei amargamente... Pola mañá, el partiu. Mamá colgoulle no colo aquel saquiño fatal que fora cosendo a véspera, estaba dentro unha medalla de ouro, unha imaxe santa que usaran nas guerras o pai e mailo avó dela; e fixémoslle todos, asemade, o sinal da cruz nun impulso case desesperado. Ficamos parados na soleira, acompañándoo cos ollos, sumidos naquel desalento que sempre invade a quen acabe de despedirse de alguén para unha longa separación; sentimos tan só a incompatibilidade asombrosa entre nós e a mañá que nos rodeaba, leda, soleada, resplandecente a causa de cristais de xeo que cubrían a herba. Despois entramos na casa, pareceume deserta. Percorrín as estancias coas manas xuntas no meu lombo, sen sabe-lo que ía facer coa miña vida, se rompo a salaiar, se rompo a cantar a plena voz... Matárono -¡que palabra máis rara!- un mes despois, en Galicia3. E xa pasaron desde entón trinta anos. E vivín moitas, moitísimas cousas durante estes anos que parecen tan longos cando se está a pensar neles atentamente, cando se está a evocar na memoria canto haxa nela de máxico, indescifrable, inconcibible para a intelixencia e para os sentidos -todo canto se chame o pasado. Na primavera do ano dezaoito, cando xa non vivían nin a nai nin o pai, eu vivía en Moscova, alugando un recuncho, nun soto que pertencía a unha tendeira, dona dun posto no mercado Smolenski que se mofaba de min a cotío: -Ben, Súa Excelencia, ¿como lle vai a existencia? Tamén eu me dedicaba á venda. Vendía, coma moitos daquela, cousas que aínda me quedaban, un anel, unha cruceciña bautismal, un colo de peles gastadas pola traza. Vendía estas mercadorías ós soldados de capotes sen abotoar, de enormes gorros de pel de ovella; e un día, na esquina da rúa Arbat4 e a do mercado, vendendo non sei qué cousas destas, atopei cun home de alma nobre e xenerosa, pouco común, un oficial xubilado xa de idade. Axiña casei con el, e en abril daquel ano partímo-los dous para Ekaterinodar5. A nosa viaxe durou case dúas semanas. Ía connosco o sobriño do meu marido, rapaz duns dezasete anos, e queriamos xuntarnos ó Exército de Voluntarios. Eu ía disfrazada de campesiña, calzada de lapti6; el vestía un gabán cosaco moi gastado, tiña unha barba longa, negra con canas. Pasamos case dous anos en terras de cosacos, entre os ríos Don e Cubañ. E no inverno do ano vinte, saímos en barco de Novorosiisk rumbo a Turquía; lémbrome dun furacán moi forte, da turba inmensa doutros fuxitivos. O meu marido morreu de tifo durante a navegación. Só me quedaron no mundo tres familiares: o sobriño do finado, a súa muller, novísima, e a filliña deles, nena de sete meses. Pero pouco tempo despois o sobriño e a súa muller partiron para Crimea, para xuntarse ó exército de Wrangel7, deixándome a nena. Desapareceron, e endexamais tiven noticia deles. Eu vivín coa nena en Constantinopla aínda moito tempo, gañando a vida para nosoutras cun traballo físico moi duro. Despois, coma moitos, percorrín con ela tantas terras. Estivemos en Bulgaria, Serbia, Chequia, Bélxica, París, Niza... A nena fíxose maior xa hai tempo. Ficou en París, feita unha francesa auténtica, moi xeitosiña e absolutamente indiferente comigo: traballaba nunha bombonería preto da igrexa de Sainte Madeleine, coas súas manciñas coidadas, de unllas vernizadas de prata, envolvía caixas de bombóns con papel satinado e atábaas con cordóns de ouro. Eu vivía e sigo a vivir en Niza, buscando a vida coma podo... Estiven por primeira vez en Niza o ano mil novecentos doce. ¡Mal podía pensar, naqueles días felices, qué había representar esta cidade para min! Deste xeito sobrevivín eu á súa morte, despois de terlle dito, á toa, que non a había sobrevivir. Mais ó lembrar canto vivín desde aquela sempre me pregunto: si, pero ¿que houbo na miña vida? E respóndome: só aquel serán frío de outono. ¿E hóuboo mesmo? Si, de todos formas, hóuboo. E é todo o que houbo na miña vida, o resto é un soño inútil. E confío, confío ardentemente: aló, en algures, el está esperándome, co mesmo amor, coa mesma mocidade que naquel serán. "Vive, goza da vida e despois ven onda min " Vivín, gocei, xa vou axiña. _______________________ 1. Fet, Afanasi (1820-1892), un poeta ruso. 2. No contexto do ruso decimonónico, un abrigo de muller de corte especial. 3. Aquí, unha provincia de Polonia 4. Unha celebre rúa de Moscova, moi antiga. 5. Unha cidade no Sur de Rusia, ocupada daquela polo Exército de Voluntarios que facía parte das Forzas Armadas Brancas. 6. Especie de alpargatas rústicas feitas con tiras de cortiza de bidueiro entretecidas. 7. Wrangel Piotr (1878-1928), un dos xefes do Movemento Branco na guerra civil rusa (1917-1922). |
| 1944, maio. |