Voltar

Thomas Ernest Hulme

Obras poéticas completas

Versión galega de Martín Veiga

 

INTRODUCCIÓN


T. E. Hulme: Vida, obra e pensamento

Thomas Ernest Hulme, poeta e filósofo inglés, unha das figuras fundamentais no Modernismo angloamericano, así como un precursor do Imaxinismo (movemento poético concibido e fundado por Ezra Pound, F. S. Flint, Richard Aldington e H. D., entre outros, e que pretendía claridade e exactitude na imaxe, para rematar co caos e a imprecisión do Romanticismo), naceu o 16 de setembro de 1883 en Gratton Hall, a casa familiar, en Endon, Staffordshire.

Logo dun fallido paso pola universidade (foi expulsado de Cambridge en 1904 por conducta desordenada e barulleira, facendo unha partida espectacular: marchou sentado dacabalo dun ataúde que portaban uns estudiantes amigos vestidos de loito), embarcou en 1906 cara a Canadá, onde traballou en granxas e campamentos de madeireiros. Alí descubriu a vasta extensión das praderías, ante as que experimentou a “necesidade ou inevitabilidade” do verso. Regresou a Europa o ano seguinte e estudiou, en Bruxelas, cos filósofos Henri Bergson e Jules de Gaultier, e co crítico literario Remy de Gourmont, que serían de grande importancia na conformación do seu ideario estético.

En 1908 volveu a Londres, entrando a formar parte do “Poets’ Club”, grupo de escritores que se reunía unha vez ao mes en St James’s Street e que abandonou axiña, pois entre febreiro e marzo de 1909 xa dirixía o seu propio grupo, que levaba a cabo as súas xuntanzas no restaurante Tour Eiffel, situado en Percy Street, no Soho londiniense. Formaban parte del escritores como F. S. Flint, Edward Storer, Florence Farr, Joseph Campbell, Francis Tancred e, en ocasións, Padraic Column, Ernest Rhys e algúns máis, entre os que se contaban Ezra Pound, presentado ao grupo o 22 de abril dese mesmo ano, e tal vez Wyndham Lewis. Este grupo, que Hulme denominaba “Secession Club”, buscaba unha profunda renovación para a poesía inglesa, introducindo nela outras formas en verso, como poemas sacros hebreos, o haiku e a tanka xaponeses e, fundamentalmente, a poesía simbolista francesa, que adquiría deste xeito enorme relevancia. Discutían tamén sobre o verso libre e a imaxe, procurando unha poesía que contemplase a presencia do mundo moderno. No seo deste colectivo publicáronse dúas antoloxías, ambas en 1909, que incluían catro poemas de Hulme.

Nos anos seguintes, Hulme publicou varios ensaios filosóficos en revistas como New Age ou Cambridge Magazine, e pronunciou múltiples conferencias sobre poesía e estética. Así mesmo, levou a cabo e publicou traduccións de Bergson e Albert Sorel. Pero as dúas obras que recollen o seu pensamento apareceron postumamente: Speculations (1924) e Notes on Language and Style (1929), editadas polo seu amigo Herbert (logo Sir Herbert) Read, que recompilou notas e ensaios fragmentarios.
Un axeitado retrato do posicionamento que Hulme mantivo ante as diversas facetas que cultivou preséntao George Sutherland Fraser na Encyclopaedia Britannica (1970): “Como crítico de arte, louvou as abstraccións “xeométricas” de Picasso; como pensador, demandou disciplina; como poeta, expresouse en nítidas imaxes. A súa aversión ao optimismo romántico, a súa visión do home como limitado e absurdo, a súa teoloxía, que salientaba a doutrina do pecado orixinal, e a súa defensa dun estilo “duro, seco” de arte e de poesía prefiguraron o desencanto de moitos escritores dos anos 20, que o saudaron como un gran pensador”.

T. S. Eliot, que o definiu como “un clasicista, un reaccionario e un revolucionario” e dixo que era “o máis notable teólogo da miña xeración”, opinaba, nunha carta dirixida a Mary Hutchinson en 1919, que non podía pensar en nada tan bo, desde William Blake, como dous dos poemas de Hulme, considerados como os primeiros inequivocamente modernos que se escribiron en inglés.

Ao igual que moitos outros escritores ingleses, participou na I Guerra Mundial, servindo na Royal Marines Artillery do exército británico, e morreu en acción, nas trincheiras de Flandres, o 28 de setembro de 1917, cando un obús impactou directamente sobre el, destrozándoo. Non quedaron restos nin para unha tumba.

O Canto XVI de Ezra Pound, centrado na destrucción e na dor causadas pola guerra, alude aos amigos que “foron a iso”, lembrando a Richard Aldington, Henri Gaudier-Brzeska, Percy Wyndham Lewis e outros. Pound dedícalle estes versos a T. E. Hulme:

E o vello T.E.H. foi a iso,
Con moitos libros da biblioteca,
a Biblioteca de Londres, e un obús soterrounos
nunha tobeira
e a Biblioteca expresou o seu anoxo.
E unha bala alcanzouno no cóbado
...logo de atravesar o tipo que estaba diante.
E el lía a Kant no Hospital, en Wimbledon,
no orixinal,
E o persoal do hospital non gustaba disto.


As Obras Poéticas Completas de T. E. Hulme foron editadas como tales por vez primeira na revista británica New Age o 25 de xaneiro de 1912, aínda que a súa publicación posterior en forma de libro é debida a Ezra Pound quen, coa súa xenerosidade intelectual característica, incluíu os cinco poemas que as conforman no seu propio volume Ripostes, que viu a luz meses despois, en outubro dese mesmo ano de 1912.

Pound explicou os motivos que o levaban a reproducir na súa obra os poemas de Hulme nunha “Nota preliminar” que acompañaba os poemas. Ademais, nesta breve presentación constátase o primeiro uso impreso de Les Imagistes, alusión que fai que as liñas de Pound constitúan un documento particularmente interesante para a historia da poesía inglesa moderna. A nota ofrece tamén algúns comentarios sobre certas tendencias poéticas da Francia e da Inglaterra da época, que Pound ridiculiza, fiel ao seu estilo cáustico.

A idea de totalidade presente no título dado por Hulme á súa breve colección de poemas é, sen embargo, enganosa: en realidade publicou un poema máis en vida, titulado “A City Sunset” e incluído no primeiro volume antolóxico editado polo “Poets’ Club” en 1909. Á súa morte, outros dous poemas apareceron entre os seus papeis, os titulados “The Man in the Crow’s Nest” e “Susan Ann and Immortality”. Toda a súa producción lírica foi recollida en 1960 en The Life and Opinions of T. E. Hulme, de A. R. Jones e, posteriormente, en The Collected Writings of T. E. Hulme, con edición de Karen Csengeri (1994).

A teoría da imaxe que Hulme defendía, e que aprendeu de Bergson, implicaba unha distinción entre intelecto e intuición; aplicáballe o primeiro á prosa, sendo a intuición a linguaxe da poesía. Por outra banda, a imaxe posibilitaba a posta en contacto de dous elementos non previamente relacionados entre si, dando lugar a unha relación significativa nova, o que non está lonxe do concepto de xustaposición postulado por T. S. Eliot e que constitúe un trazo básico na configuración da súa obra The Waste Land (1922). Nestas ideas atopábase, aínda de xeito latente, a orixe da revolución que supoñería o Imaxinismo na lírica en idioma inglés, pois malia que este movemento poético tivo unha duración temporal escasa, as súas consecuencias no posterior desenvolvemento da poesía, especialmente en Inglaterra e nos Estados Unidos, foron esenciais.

Tanto as devanditas consideracións como a idea imaxinista de que a poesía comunica metafórica e non loxicamente percíbense nos cinco poemas que presentamos, o que explica o feito de que Pound identificase os poemas de Hulme como os primeiros imaxinistas. A revista Poetry de marzo de 1913 incluía unha nota de Flint sobre o Imaxinismo complementada con datos de Pound, nos que definía a imaxe como “aquela que presenta un complexo intelectual e emocional nun instante de tempo”, calidade que ben soubo apreciar un ano antes nas composicións de Hulme.

As Obras Poéticas Completas de T. E. Hulme, que ilustran claramente as súas propias teorías críticas, ocupan tal vez na actualidade un lugar periférico na historia da lírica en lingua inglesa, mais o seu pensamento e reflexión acerca da poesía e a linguaxe resultan de decisiva importancia para calquera achegamento á poesía moderna.

THE COMPLETE POETICAL WORKS OF T. E. HULME


OBRAS POÉTICAS COMPLETAS DE T. E. HULME



AUTUMN

A touch of cold in the Autumn night-
I walked abroad,
And saw the ruddy moon lean over a hedge
Like a red-faced farmer.
I did not stop to speak, but nodded,
And round about were the wistful stars
With white faces like town children.

OUTONO

Unha lene friaxe na noite de Outono:
noutras terras camiñaba,
e ollei a lúa tinguida reclinarse nunha sebe
como un campesiño de rostro vermello.
Non me detiven a falar, só acenei coa cabeza,
e arredor estaban as estrelas pensativas
con rostros brancos como nenos de cidade.


MANA ABODA

Beauty is the marking-time, the stationary vibration, the feigned
ecstasy of an arrested impulse unable to reach its natural end.

Mana Aboda, whose bent form
The sky in archèd circle is,
Seems ever for an unknown grief to mourn.
Yet on a day I heard her cry:
‘I weary of the roses and the singing poets-
Josephs all, not tall enough to try.’

MANA ABODA

A beleza é a suspensión do tempo, a vibración estacionaria, o finxido
éxtase dun impulso reprimido incapaz de conseguir o seu fin natural.

Mana Aboda, coa súa forma curva
que é o ceo en abovedado círculo,
semella laiarse sempre por unha mágoa descoñecida.
Un día, sen embargo, oín o seu lamento:
“Cánsome das rosas, dos poetas que cantan
-todos san Xosés, non altos dabondo para intentalo.”


ABOVE THE DOCK

Above the quiet dock in mid night,
Tangled in the tall mast’s corded height,
Hangs the moon. What seemed so far away
Is but a child’s balloon, forgotten after play.

SOBRE O PEIRAO

Sobre o peirao en calma a medianoite,
enredada nas altas cordaxes do elevado mastro,
pendura a lúa. O que semellaba tan distante
non é máis que o globo dun neno, esquecido tralo xogo.


THE EMBANKMENT

(The fantasia of a fallen gentleman on a cold, bitter night)

Once, in finesse of fiddles found I ecstasy,
In the flash of gold heels on the hard pavement.
Now see I
That warmth’s the very stuff of poesy.
Oh, God, make small
The old star-eaten blanket of the sky,
That I may fold it round me and in comfort lie.

O CAVORCO

(A fantasía dun cabaleiro fracasado nunha noite fría, amarga)

Antigamente, no artificio de violíns atopaba o éxtase,
no fulgor de tacóns de ouro sobre o duro pavimento.
Observo agora
que a calidez é a verdadeira substancia da poesía.
Oh, Deus, empequenece
a vella manta do ceo, comesta por estrelas,
para envolvela arredor miña, e no acougo xacer.


CONVERSION

Lighthearted I walked into the valley wood
In the time of hyacinths,
Till beauty like a scented cloth
Cast over, stifled me. I was bound
Motionless and faint of breath
By loveliness that is her own eunuch.
Now pass I to the final river
Ignominiously, in a sack, without sound,
As any peeping Turk to the Bosphorus.

CONVERSIÓN

Adentreime ledamente polo bosque do val
no tempo dos xacintos,
ata que a beleza como un pano aromado
se me botou enriba, abafoume. Inmóbil
e débil de alento, estaba rodeado
polo encanto: o seu propio eunuco.
Atraveso agora o río final
ignominiosamente, nun saco, en silencio,
como calquera turco axexante o Bósforo.




© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2002
© da tradución Martín Veiga, 2002