Voltar

Jeremiah Curtin

O nacemento de Fin Maccumhail

Tradución de Karina Duro

 

Cumhal Macart foi un gran campión do oeste de Erín e profetizáranlle que se algunha vez casaba había morrer na seguinte batalla en que loitase.

Por esta razón, non tivo esposa nin coñeceu muller ningunha durante moito tempo; ata que un día viu a filla do rei, sendo esta tan fermosa que esqueceu todo o seu medo e casou con ela en segredo.

Ó día seguinte do casamento, chegaron novas de que había que loitar nunha batalla.

Daquela, un druída díxolle ó rei que o fillo da súa filla podería quitarlle o reino; polo que o rei decidiu vixiala e non permitirlle a ningún home que se achegase a ela.

Antes de ir á batalla, Cumhal contoulle todo á súa nai: contoulle das súas relacións coa filla do rei e díxolle:

-Segundo a profecía do druída hei morrer hoxe na batalla e temo que se a filla do rei ten un fillo, este hao matar porque a profecía anuncia que o rei perderá o seu reino por culpa do fillo da propia filla. Agora ben, se a filla do rei ten un fillo, ti, de poderes, halo esconder e criar; ti has se-la súa única esperanza e salvación.

Cumhal morreu na batalla, e aquel mesmo ano a filla do rei tivo un neno.

O día do seu nacemento, o avó do rapaz ordenou que o botasen ó lago pola fiestra do castelo para que afogase.

El afundiu e desapareceu da vista; pero despois de permanecer un anaco baixo da auga volveu subir á superficie e chegou á terra levando un salmón vivo na man.

A avoa do rapaz, a nai de Cumhal, permaneceu na beira mirando e mentres vía o sucedido dixo para si:

-É o meu neto, o verdadeiro fillo do meu fillo.

Colleu o rapaz e fuxiu con el a toda présa, desaparecendo antes de que os homes do rei a puidesen deter.

Cando o rei oíu que a anciá escapara co fillo da súa filla, montou en cólera e ordenou que executasen a tódolos nenos que nacesen ese día no seu reino; esperando, deste xeito, mata-lo propio neto e salvar, así, a coroa.

Despois de desaparecer da beira do lago, a anciá, a nai de Cumhal, dirixiuse cara a un bosque tupido onde pasou a noite o mellor que puido. Para o día seguinte encamiñouse a un carballo enorme, e pagoulle a un home para que fixese unha cámara dentro da árbore.

Cando todo estivo acabado e había dentro do carballo un cuarto agradable para ela e o seu neto, e para unha cadeliña da mesma idade có neno que ela trouxera do castelo, díxolle ó home:

-Déame a machada que ten na man, pois hai algo aquí que quero amañar.

O home deulle a machada, e nese instante a muller cortoulle a cabeza dicindo:

-Agora nunca lle falará a ninguén deste lugar.

Un día, a cadeliña comeu algunhas das finas labras (en gaélico bran) que o carpinteiro deixara no chan ó acabar de face-lo cuarto, polo que a anciá anunciou:

-A partir de agora chamaraste Bran.

Viviron os tres xuntos na árbore, e a anciá non sacou de alí o seu neto ata pasados cinco anos. Este, como estivera tanto tempo sentado dentro, non era quen de andar.

Unha vez que a anciá lle aprendeu a camiñar, levouno un día á cima dun outeiro de onde partía unha longa ladeira. Colleu unha vara e díxolle:

-Agora, corre monte abaixo; eu seguireite e pegareiche con esta vara; e, monte arriba, correrei eu diante e ti pegarasme cantas veces poidas.

A primeira vez que correron monte abaixo, a avoa pegoulle moitas veces; monte arriba, el non foi quen de tocarlle. Cada vez que corrían monte abaixo, ela pegáballe menos e cada vez que corrían monte arriba el pegáballe máis.

Estiveron a correr arriba e abaixo durante tres días; ó final, ela non era quen de pegarlle unha soa vez e el pegáballe cada paso que ela daba. Así, converteuse nun gran corredor.

Cando o rapaz tiña quince anos, a anciá foi con el a un partido de hurling entre as forzas do seu avó e as do reino veciño. Ámbalas dúas partes tiñan a mesma habilidade e ningunha era quen de gañar ata que o mozo xogou contra os homes do seu avó. Entón gañaba tódolos partidos. Cando lanzaban a pelota ó aire, el golpeábaa unha e outra vez mentres baixaba, de xeito que nunca deixaba que a pelota tocase no chan ata atravesa-los postes.

O vello rei, levado do demo e moi avergonzado pola derrota dos seus homes, ó ve-lo mozo, tan fermoso e con cabelo branco, exclamou:

-¿Quen é ese fin cumhal (gorra branca)?

-Ah, iso é; Fin será o seu nome, Fin MacCumhail -dixo a anciá.

O rei ordenoulle á súa xente que collesen o mozo e que o matasen de seguida. A anciá foi correndo a carón do seu neto. Escaparon da multitude e marcharon, un outeiro a cada salto, un val a cada paso e trinta e dúas millas a cada zancada. Correron un longo treito ata que Fin comezou a estar canso, polo que a vella avoa púxoo sobre as súas costas colocándolle os pés nos dous petos que tiña o seu vestido, un a cada lado, e seguiu a correr tan rápido coma antes, un outeiro a cada salto, un val a cada paso e trinta e dúas millas a cada zancada.

Pasado un tempo, a anciá sentiu que os seguían de cerca e díxolle a Fin:

-Mira cara a atrás e dime o qué ves.

-Vexo -contestou- un cabalo branco cun campión sobre o seu lombo.

-Ben, non te preocupes -replicou ela-, un cabalo branco non ten resistencia, nunca nos podería coller. Estamos a salvo del.

E continuaron afastándose. Unha segunda vez, a anciá sentiu que os perseguían de cerca e dixo de novo:

-Mira para atrás a ver quén se está a acercar.

Fin mirou para atrás e contestou:

-Vexo un guerreiro montado sobre un cabalo castaño.

-Non teñas medo -replicou a anciá-, non existe un cabalo castaño que non sexa inconstante, non nos pode adiantar.

E continuou a correr coma antes. Por terceira vez, dixo:

-Mira a ver quén se está achegando agora.

Fin mirou e contestou:

-Vexo un guerreiro negro sobre un cabalo negro seguíndonos de présa.

-Non existe ningún cabalo tan forte coma un cabalo negro -replicou a súa avoa-. Non podemos fuxir del. Meu neto, un dos dous debe morrer; eu estou vella e xa case chegou a miña hora. Morrerei eu, salvádevos ti e mais Bran (Bran estivera con eles todo este tempo). Aquí adiante hai un lamazal profundo, baixa das miñas costas e fuxe tan lixeiro como poidas. Eu saltarei ó lamazal e afundirei ata o pescozo e cando veñan os homes do rei direilles que estás no lamazal debaixo de min, afundido, e que estou intentando atoparte. Como o meu cabelo e o teu son da mesma cor pensarán que a miña cabeza pode valer para levar de volta. Cortaranma e porana no lugar da túa para amosarlla ó rei. Iso ha satisface-lo seu anoxo.

Fin baixou das costas, despediuse da súa avoa e marchou correndo con Bran. A anciá achegouse ó lamazal, saltou nel e afundiu ata o pescozo. Os homes do rei chegaron pronto á beira do lamazal e o xinete negro preguntoulle á anciá:

-¿Onde está Fin?

-Está aquí, no lamazal, debaixo de min, e estou intentando atopalo.

Como os xinetes non deron atopado a Fin, pensaron que a cabeza da anciá podería valer para levar de volta, cortáronlla e levárona con eles dicindo:

-Isto satisfará ó rei.

Fin e Bran continuaron ata que chegaron a unha enorme cova na que atoparon un rabaño de cabras. No fondo da cova quedaba o remol dunha fogueira. Deitáronse os dous para descansar.

Un par de horas máis tarde, entrou un xigante cun salmón na man. O xigante era alto de máis, non tiña máis ca un ollo no medio da fronte, tan grande coma o sol no ceo.

Cando viu a Fin díxolle:

-Ven aquí, colle este salmón e ásao, pero ten coidado, porque se lle levantas unha soa ampola heiche corta-la cabeza. Andei a perseguir este salmón tres días e tres noites sen descanso porque é o salmón máis fermoso do mundo.

O xigante botouse a durmir no medio da cova. Fin espetou o salmón e púxoo á calor das brasas.

Ó minuto, o xigante pechou o seu único ollo e comezou a roncar. Cada vez que tomaba aire arrastraba cara a súa boca a Fin, o asador, o salmón, a Bran e a tódalas cabras, e cada vez que botaba aire devolvíaos ós lugares onde estaban antes. Fin foi arrastrado unha e outra vez á boca do xigante con tanta forza que temía constantemente baixar pola súa gorxa.

Cando o salmón estaba case listo, apareceu unha ampola. Fin premeu o lugar co polgar coa intención de rompe-la ampola e esconderlle ó xigante o mal que fixera. Pero queimou o polgar e, para alivia-la dor, púxoo entre os dentes e roeu a pel ata a carne, a carne ata o óso e o óso ata a medula, e cando probou a medula, obtivo o coñecemento de tódalas cousas. A continuación, a respiración do xigante arrastrouno xusto á súa cara e, sabendo polo seu polgar o que tiña que facer, Fin meteu o asador quente no ollo durmido do xigante e destruíuno.

Nese mesmo instante o xigante púxose dun só salto na entrada da cova e alí, coas costas cara á parede e un pé a cada lado da boqueira, ruxiu:

-Non abandonarás vivo este lugar.

Entón, Fin matou a cabra máis grande, esfolouna tan rápido como puido e, poñendo por riba a pel, conduciu o rabaño onde estaba o xigante; as cabras foron saíndo unha a unha por entre as pernas do xigante e cando chegou a cabra grande, o xigante colleuna polos cornos, Fin librouse da pel e correu para fóra.

-Escapaches -dixo o xigante-, pero antes de que marches déixame darche un regalo.

-Teño medo de acercarme a ti -contestou Fin-, se me queres dar un regalo pono aí e logo recúa.

O xigante puxo un anel no chan e logo recuou. Fin colleu o anel e púxoo no dedo maimiño por enriba da primeira articulación. Quedou tan fortemente suxeito que ningún home no mundo o daría arrincado.

Logo o xigante chamou:

-¿Onde estás?

-No dedo de Fin -berrou o anel.

Nese intre, o xigante botouse a Fin e case cae sobre a súa cabeza coa intención de esnaquizalo. Fin escapou dun salto. Outra vez, o xigante preguntou:

-¿Onde estás?

-No dedo de Fin -respondeu o anel.

E de novo o xigante deu un salto, quedando xusto fronte a Fin. O xigante preguntou moitas veces, e outras tantas case colle a Fin, quen non podía escapar co anel no dedo. Mentres estaban a pelexar, e non sabendo como escapar, Bran chegou correndo e preguntou:

-¿Por que non morde-lo polgar?

Fin mordeu o polgar ata a medula e logo soubo o que tiña que facer. Colleu o coitelo co que esfolara a cabra, cortou o dedo pola primeira articulación e botouno co anel aínda posto a un lamazal profundo que había alí preto.

Outra vez, chamou o xigante:

-¿Onde estás?

E o anel respondeu:

-No dedo de Fin.

De inmediato, o xigante saltou cara á voz, afundíndose ata os ombros no lamazal, e alí ficou.

Así, Fin e Bran continuaron o seu camiño e viaxaron ata que toparon un bosque mesto e tupido onde había milleiros de cabalos arrastrando madeira, e homes cortando árbores e preparándoas.

-¿Que é isto? -preguntoulle Fin ó supervisor dos traballadores.

-Ben, estamos a construír un dun (un castelo) para o rei; construímos un cada día e cada noite resulta completamente destruído polo lume. O noso rei ten unha única filla e daralla a calquera home que salve o dun e deixaralle o seu reino á súa morte. Se algún home se compromete a salva-lo dun e fracasa, pagarao coa súa vida: o rei cortaralle a cabeza. Xa o intentaron os mellores campións de Erín e fracasaron; agora están nos calabozos, un exército completo, esperando a vontade do rei. Vailles corta-la cabeza a todos nun día.

-¿Por que non mórde-lo polgar? -preguntoulle Bran.

Fin mordeu o polgar ata a medula e logo soubo que na parte leste do mundo vivía unha vella bruxa cos seus tres fillos que cada tarde, á noitiña, enviaba o máis novo a queima-lo dun do rei.

-Salvarei o dun do rei -dixo Fin.

-Ben -replicou o supervisor-, xa o teñen intentando homes mellores ca ti e perderon a vida.

-Oh -dixo Fin-, non teño medo; intentareino pola filla do rei.

Daquela Fin, seguido de Bran, foi co supervisor onda o rei.

-Oín que lle dariáde-la vosa súa filla ó home que salve o voso dun -dixo Fin.

-Darei -contestou o rei-, pero se fracasa heille corta-la cabeza.

-Ben -respondeu Fin-, arriscarei a miña cabeza pola vosa filla. De fracasar, quedo satisfeito.

O rei deulle a Fin comida e bebida. Este ceou e, unha vez que acabou, foi cara ó dun.

-¿Por que non morde-lo polgar? -díxolle Bran-. Así sabera-lo qué facer.

Fíxoo. Logo, Bran sentou no teito para espera-lo fillo da vella. Naquel intre, a vella do leste díxolle ó seu fillo máis novo que apurase cos fachos, que queimase o dun e que volvese sen tardar porque as papas estaban fervendo e non se debía atrasar para a cea.

O mozo colleu os fachos e saíu disparado polo aire a unha velocidade incrible. Pronto tivo á vista o dun do rei e lanzou os fachos sobre o teito de palla para prenderlle lume como de costume.

Nese intre, Bran deulles tal empuxón os fachos co lombo que caeron no regato que corría arredor do dun e apagáronse.

-¿Quen é -berrou o fillo máis novo da vella bruxa- o que ousa apaga-las miñas teas e interferi-lo meu dereito hereditario?

-Eu -contestou Fin, que estaba fronte a el.

Entón comezou unha loita terrible entre Fin e o fillo da vella. Bran baixou do dun para axudarlle a Fin: mordeu e esfolou as costas do inimigo, quitándolle a pel desde a cabeza ata os pés.

Despois dunha loita terrible como a que non houbo no mundo antes daquela noite, Fin cortoulle a cabeza ó seu inimigo. De non ser por Bran, Fin nunca tería vencido.

Xa pasara a hora á que tiña que volve-lo seu fillo, e a cea estaba lista. A vella, impaciente e anoxada, díxolle ó seu segundo fillo:

-Colle os fachos e apura, vai ver por qué tarda o teu irmán. ¡Hao pagar cando chegue! Pero ten coidado e non fagas coma el ou tamén os pagarás. Volve pronto porque as papas están a ferver e listas para a cea.

Marchou e atopou a Fin, quen o matou igual ca ó seu irmán, coa diferencia de que era máis forte e a loita foi máis dura de gañar. De non ser por Bran, Fin tería perdido a súa vida aquela noite.

A vella andaba levada do demo polo atraso, así que lle dixo ó seu fillo máis vello, quen non saíra da casa en anos (ela só o mandaba en casos de extrema necesidade. Tiña cabeza de gato e chamábanlle Pus an Chuine, isto é, Mico do recanto; era o máis vello e o máis forte dos irmáns):

-Veña, colle os fachos, vai e mira qué é o que retén ós teus irmáns. Hano pagar cando cheguen.

O irmán maior saíu disparado polo aire, chegou ó dun do rei e lanzou os fachos sobre o teito. Acababan de chamuscar un pouco a palla, cando Bran os empuxou con tanta forza que caeron no regato e apagáronse.

-¿Quen é -berrou Cabeza de Gato- o que ousa interferi-lo meu dereito ancestral?

-Eu -gritou Fin.

E comezou unha pelexa aínda máis dura que co segundo irmán. Bran axudaba por detrás, esfolándoo desde a cabeza ata os pés pero, ó final, Cabeza de Gato cravou os dentes no peito de Fin, mordendo e trabando ata que Fin lle cortou a cabeza. O corpo caeu ó chan, pero a cabeza vivía e seguía mordendo tan forte coma antes. Fixesen o que fixesen, era imposible matalo. Fin daba machadazos e cortaba, pero non podía nin matalo nin sacalo do peito. Cando xa estaba practicamente exhausto, Bran preguntou:

-¿Por que non morde-lo polgar?

Fin mordeu o polgar, e cando chegou á medula soubo que a vella do leste estaba lista para empezar a busca-los seus fillos con fachos e para queimar ela mesma o dun, así mesmo soubo que tiña un frasco cun líquido co que lle podía devolve-la vida ós seus fillos e que nada o liberaría de Cabeza de Gato a non se-lo sangue da vella.

Despois da media noite, a vella bruxa, anoxada polo atraso dos seus fillos, saíu disparada polo aire coma un raio, máis rápido cós seus fillos. Lanzou os seus fachos desde lonxe por riba do teito do dun, pero Bran, coma antes, lanzounos ó regato.

Entón, a vella deu voltas polo aire buscando os seus fillos. Fin estaba cada vez máis débil pola dor e a perda de sangue, posto que Cabeza de Gato estivo a morde-lo seu peito todo o tempo.

Bran chamou:

-¡Veña, Fin, érguete; usa o teu poder ou estamos perdidos! Se a vella bruxa bota unha gota do líquido sobre o corpo dos seus fillos, volverán á vida e, daquela, estamos acabados.

Unha vez en pé, dun só salto, Fin colleu a vella no aire e arrebatoulle a botella, baleirándose ó caer ó chan.

A vella bruxa pegou tal berro que se oíu en todo o mundo, baixou ó chan e enfrontouse a Fin. De modo que tivo lugar a pelexa máis grande que se coñeceu no mundo ata aquela noite ou que se viu desde entón. Das rochas grises saía auga, as vacas parían os seus cuxos antes de tempo, aínda que non estivesen preñadas, e os xuncos duros medraban suaves no recanto máis remoto de Erín, tan desesperada e horrible era a pelexa entre Fin e a vella bruxa. Fin tería morto aquela noite de non ser por Bran.

Xusto cando empezaba a amencer, Fin cortoulle a cabeza á vella, colleu un pouco do seu sangue e salpicouno arredor de Cabeza de Gato, que caeu morto.

Salpicou un pouco de sangue sobre as súas propias feridas e curou, logo salpicou outro pouco sobre Bran, que estaba chamuscada polos fachos e tamén lle deu a vida. Fin, exhausto pola loita, deitouse e quedou durmido.

Mentres estaba a durmir, o xefe dos mordomos do rei foi ó dun, atopouno san e salvo e, vendo a Fin alí deitado durmindo, soubo que el o salvara. Bran intentou espertalo, empuxouno e tirou del, pero non o puido erguer.

O mordomo foi onda o rei e díxolle:

-Salvei o dun e reclamo a miña recompensa.

-Serache dada -contestoulle o rei.

Foi recoñecido de inmediato xenro do rei, e déronse ordes de preparar de inmediato a voda.

Bran estivo a escoita-lo que estaba pasando e, cando o seu amo espertou, xusto ó mediodía, contoulle todo o que ocorría no castelo do rei.

Fin foi onda o rei e díxolle:

-Salvei o dun e reclamo a miña recompensa.

-Oh -dixo o rei-, o meu mordomo reclamou a recompensa e déuselle.

-Non foi el quen salvou o dun; salveino eu -replicou Fin.

-Ben -contestou o rei-, el foi o primeiro que me informou da súa seguridade e reclamou a recompensa.

-Tráiao aquí, quero velo -dixo Fin.

Mandárono buscar, e veu.

-¿Salvaches ti o dun do rei? -preguntou Fin.

-Salvei -contestou el.

-Non o salvaches, e toma isto polas túas mentiras -replicou Fin.

Golpeouno co borde da man aberta e separoulle a cabeza do corpo, tirándoa contra a outra parte do cuarto e esmagándoa como pasta sobre a parede.

-Ti e-lo home -díxolle o rei a Fin- que salvou o dun; a recompensa é túa. Tódolos campións, e hai moitos, que non foron quen de salvalo están nos calabozos da miña fortaleza. Deberáselles corta-la cabeza antes de que teña lugar a voda.

-¿Permitiriádesme velos? -preguntou Fin.

-Por suposto -contestou o rei.

Fin baixou onda os homes, e atopou os mellores campións de Erín nos calabozos.

-¿Obedecerédesme en todo se vos salvo da morte? -dixo Fin.

-Obedeceremos -responderon.

Entón, volveu onda o rei e preguntoulle:

-¿Dariádesme a vida deses campión de Erín no lugar da man da vosa filla?

-Dou -contestou o rei.

Tódolos campións foron liberados, e abandonaron ese mesmo día o castelo do rei. Desde aquela están ás ordes de Fin, e esta foi a orixe do seu exército e o comezo dos Fenianos de Erín.