|
CAPÍTULO
I
Entre os xenios que presiden os imperios do mundo, Ituriel ten un dos primeiros rangos, e rexe o departamento da alta Asia. Baixou unha mañá á morada do escita Babuc1, na ribeira do Oxo, e díxolle: -Babuc, as loucuras e os excesos dos persas soergueron a nosa cólera; houbo onte unha asemblea dos xenios da alta Asia para sabermos se habiamos castigar a Persópole ou destruíla. Vai a esa vila, pescuda todo; volverás para me renderes conta fiel; e eu, de acordo co teu informe, heime decidir a corrixi-la cidade ou exterminala. "E conta -seguiu o anxo-, que non has ser parcial; recibiches do ceo o discernimento, e eu engádolle o don de inspiráre-la confianza. Vai, olla, escoita, observa, e non temas cousa. Has ser ben recibido en xalundes. Babuc montou no seu camelo e partiu cos serventes. Ó cabo dalgunhas xornadas, atopou nas chairas de Senaar o exército persa que ía combater contra o exército indio. Dirixiuse primeiro a un soldado que atopou arredado. Faloulle, e preguntoulle cál era o motivo da guerra. -Por tódolos deuses -dixo o soldado-, diso non vos sei cousa. Non é o meu asunto: o meu oficio é matar e ser matado para gaña-la vida; non importa a quen sirva. Ben podería eu mesmo pasar ó campo dos indios, pois disque dan preto de media dracma diaria máis de cobre ós seus soldados do que nós temos neste noxento servicio de Persia. Se queredes saber por qué se loita, falade co meu capitán. Babuc, logo de facerlle un pequeno agasallo ó soldado, entrou no campamento. Fixo axiña coñecemento co capitán, e preguntoulle o motivo da guerra. -¿El como queredes que eu o saiba? -dixo o capitán-. ¿Que me importa o bendito motivo? Eu vivo a duascentas leguas de Persépole; oio dicir que se declarou a guerra; abandono ó dereito a miña familia, e vou procurar, conforme o noso costume, a fortuna ou a morte, visto que non teño cousa que facer. -Mais os vosos camaradas -dixo Babuc- ¿non están un pouco máis informados ca vós? -Non -dixo o oficial-, só os nosos principais sátrapas saben precisar ben por qué nos degolamos. Babuc, abraiado, achegouse ós xenerais; entrou en confianza con eles. Un daqueles acabou por lle dicir: -A causa desta guerra, que desola Asia dende hai vinte anos, vén, na orixe, dunha querela entre un eunuco dunha muller do Gran Rei de Persia e un empregado dun despacho do Gran Rei das Indias. Tratábase dun trabuco que correspondía máis ou menos a preto da trixésima parte dun dárico. O primeiro ministro das Indias e o noso sostiveron dignamente os dereitos dos seus amos. A querela empezoñouse. Dunha e da outra parte púxose en campaña un exército dun millón de soldados. E cómpre recrutar tódolos anos máis de catrocentos mil soldados para ese exército. As mortes, os incendios, as ruínas, as devastacións, multiplícanse; o universo sofre, e o asañamento continúa. O noso primeiro ministro e mailo das Indias fan protesta a miúdo de que só se moven pola felicidade do xénero humano; e a cada protesta hai sempre algunhas vilas destruídas e mais algunhas provincias estragadas. No día seguinte, pola bouba que se espallou de a paz ir ser concluída, o xeneral persa e mailo xeneral indio buliron a dar batalla; foi sanguenta. Babuc viu nela tódolos crimes e máis tódalas abominacións; foi testemuña das manobras dos sátrapas principais, que fixeron canto puideron para o seu xefe resultar batido. Viu oficiais mortos polas súas propias tropas; viu soldados que acababan de degola-los seus camaradas expirantes para lles arrincaren algúns farrapos sanguentos, rachados e cubertos de lama. Entrou nos hospitais para onde trasladaban os feridos, que os máis deles expiraban pola neglixencia inhumana daqueles a quen o rei de Persia pagaba ben caro para os acorreren. -¿El estes son homes -exclamou Babuc- ou animais bravos? ¡Ai! Ben vexo que Persópole ha ser destruída. Ocupado con este pensamento, pasou ó campo dos indios. Alí foi tan ben recibido coma no dos Persas, conforme lle fora predito; mais viu alí os mesmos excesos que o arrebataran de horror. -¡Oh! Oh! -dixo para si-. S o anxo Ituriel quere extermina-los persas, entón é preciso que o anxo das Indias tamén destrúa os indios. Logo de se informar máis polo miúdo do que acontecera nun e noutro exército, soubo de accións de xenerosidade, de grandeza de alma, de humanidade, que o abraiaron e o engaiolaron. -Inexplicables humanos -exclamou-. ¿El como podedes xuntar tanta baixeza e tanta grandeza, tantas virtudes e tantos crimes? Entrementres, declarouse a paz. Os xefes de ámbolos exércitos, dos que ningún acadara a victoria, e que só polo seu interese fixeran verte-lo sangue de tantos homes semellantes a eles, foron solicitar recompensas a cadansúa corte. E celebrouse a paz en escritos públicos que non anunciaban senón a volta da virtude e máis da felicidade á terra. -¡Deus sexa loado! -dixo Babuc-. Persépole ha se-la morada da inocencia requintada; non será destruída, conforme o querían eses malandros de xenios: corramos lixeiros a esa capital da Asia. CAPÍTULO II Chegou el a esa vila inmensa pola entrada vella3, que era por enteiro bárbara e coa súa rusticidade noxenta ofendía os ollos. Toda aquela parte da vila resentíase do tempo no que fora construída; pois, malia a teimosía dos homes en loaren o vello á conta do moderno, é preciso confesar que, en tódalas cousas, os primeiros ensaios son sempre groseiros. Babuc mesturouse coa turbamulta dun pobo composto no que el hai máis de porco e de feo nos dous sexos. Esta catropea bulía, cun aire aparvado, cara a un recinto vasto e sombrizo. Polo continuo zoar, polo movemento que advertiu, polo diñeiro que algunhas persoas daban a outras por teren dereito a sentar, coidou que estaba nun mercado onde se vendían cadeiras de palla; mais axiña, vendo que varias mulleres se puñan de xeonllos, simulando ollar en fite cara a adiante e mirando ós homes de esguello, decatouse de estar nun templo. Voces ásperas, roucas, salvaxes, discordantes facían resoa-la bóveda con sons mal articulados, que causaban o mesmo efecto cós berros dos onagros ó responderen, nas chairas dos pictavos4, ó corno que os chama. Tapaba as orellas; e pronto quixo tapar tamén os ollos e mailo nariz, en endo entrar no templo operarios con picos e pas. Remeveron nunha pedra ancha, e guindaron á dereita e máis á esquerda unha terra que deitaba un cheiro fedorento.; a seguir, viñeron pousar un morto naquela abertura, e volveron coloca-la pedra enriba. -¿Que? -estrañouse Babuc-. ¡Estes pobos soterran os seus mortos nos mesmos lugares nos que adoran á divindade! ¡Como! ¡Os seus templos están lastrados de cadáveres. Xa non me abraian esas doenzas pestilentes que asolan a miúdo Persépole. A podremia dos mortos, e maila de tantos vivos xuntos e amoreados no mesmo sitio, é quen de empezoña-lo globo terrestre. ¡Ai! ¡Que vila ruín é Persépole! Semella que os anxos queren destruíla para reedificar outra máis bela, e para pobola de habitantes menos porcos e que canten mellor. A Providencia pode te-las súas razóns; deixémola facer. CAPÍTULO III Entrementres, o sol acaroábase dende o alto do seu percorrido. Babuc debía ir xantar no outro cabo da vila, á casa dunha dona para a que lle dera unhas cartas o seu marido, oficial do exército. Deu antes varias voltas por Persépole, viu outros templos mellor construídos e mellor acomodados, ateigados de xente pulida, nos que soaba unha música harmoniosa; reparou en fontes públicas que, por máis de estaren mal situadas, regalaban os ollos coa súa beleza5; prazas onde semellaban respirar en bronce os mellores reis que gobernaran Persia; outras onde se sentía o pobo exclamar: "¿El cándo veremos aquí o dono a quen queremos?" Admirou as magníficas pontes elevadas sobre o río, os peiraos soberbios e cómodos, os pazos construídos á dereita e mais á esquerda, unha casa inmensa onde milleiros de vellos soldados magoados e vencedores daban a cotío gracias ó Señor dos exércitos6. Ó cabo entrou na casa da dama que o agardaba para xantar cun grupo de xente ben educada. A casa era linda e enfeitada, a comida deliciosa, a dona nova, bela, enxeñosa, atraente, a compaña digna dela; e Babuc dicía para si a cada intre: "O anxo Ituriel chúfase do mundo ó querer destruír unha vila tan feiticeira". CAPÍTULO IV Así e todo advertiu que a dona, que principiara por lle pedir agarimosamente novas do seu home, falaba con máis agarimo aínda, no remate do xantar, cun mago novo7. Viu un maxistrado que, na presencia da súa muller, apalpaba con viveza nunha viúva, e esta viúva indulxente tíñalle unha man botada polo lombo ó maxistrado mentres lle tendía a outra a un cidadán novo moi lindo e moi modesto. A muller do maxistrado ergueuse da mesa a primeira, para ir parolar nun gabinete veciño co seu director espiritual, que chegara tarde de máis, polo que agardaran para xantar; e o director, home elocuente, faloulle nese gabinete con tanta vehemencia e autoridade que a dama tiña, en que volveu, os ollos húmidos, as fazulas arrubiadas, o paso pouco seguro, a fala tremente. Daquela, Babuc principiou a temer que o xenio Ituriel levase razón. O don que tiña el de acada-la confianza púxoo, dende ese día mesmo, nos segredos da dona; que lle confiou o seu agrado polo mozo mago, e aseguroulle que en tódalas casas de Persépole había atopa-lo equivalente do que vira na dela. Babuc chegou á conclusión de que unha tal sociedade non podía subsistir; que os celos, a discordia, a vinganza habían magoar tódolos lares; que as bágoas e mailo sangue debían escoar a cotío; que de certo, os maridos habían mata-los galáns das súas mulleres, ou serían mortos por eles; e que, ó cabo, Ituriel facía moi ben en destruír de súpeto unha vila entregada a continuas desfeitas. CAPÍTULO V Andaba mergullado nestas ideas funestas, cando se presentou na porta un home grave, con capa negra, que pediu humildemente falar co mozo maxistrado. Este, sen se erguer, sen miralo, deulle altivamente e con actitude distraída uns papeis, e despediuno. Babuc preguntou quen era aquel home. A dona da casa díxolle polo baixiño: -É un dos mellores avogados da vila; hai cincuenta anos que estudia as leis. Esoutro señor, que ten só vintecinco anos e que é sátrapa de lei8 dende hai dous días, dálle a face-lo exame dun proceso que ten que xulgar, e que aínda el non examinou. -Ese mozo atordado fai as cousas con siso -dixo Babuc- ó demandarlle consello a un ancián; mais, ¿el por que non é o vello o xuíz? -Estades de chufa -dixéronlle-, os que avellaron nos empregos laboriosos e subalternos nunca chegan ás dignidades. Ese mozo ten un gran cargo, pois o seu pai é rico, e porque aquí o dereito de facer xustiza mércase coma un quintal. -¡Oh, costumes! ¡Oh, malfadada vila! -exclamou Babuc-. Velaí o cumio da desorde; sen dúbida, quen así mercaron o dereito de xulgar venden os seus xuízos; non vexo aquí máis que abismos de iniquidade. Cando subliñaba deste xeito a súa dor e maila súa sorpresa, un guerreiro mozo, que volvera naquel mesmo día do exército, díxolle: -¿E por que non queredes que se merquen os empregos de toga? Eu mesmo merquei o dereito de enfronta-la morte capitaneando dous mil homes que mando; custoume corenta mil dáricos de ouro, este ano, o dereito a deitarme no chan trinta noites seguidas coa miña casaca vermella, e a recibir despois dúas boas frechadas que me doen aínda. Segundo eu me arruinei por servi-lo emperador persa, ó que endexamais vin, o señor sátrapa de toga ben pode pagar algo por te-lo pracer de dar audiencia ós litigantes. Babuc, indignado, non se puido privar de condenar no seu corazón un país onde puñan en subhasta as dignidades da paz e mais da guerra; precipitadamente chegou á conclusión que se debían ignorar por enteiro a guerra e mailas leis, e que, mesmo que Ituriel non exterminase aqueles pobos, habían eles perecer por mor da súa detestable administración. A súa cativa opinión medrou coa vinda dun home gordo que, en que saudou con moita familiaridade a toda a xuntanza, achegouse ó mozo oficial e díxolle: -Non vos podo emprestar máis ca cincuenta mil dáricos de ouro; pois, de certo, as alfándegas do imperio non me renderon neste ano máis ca trescentos mil. Babuc informouse de quen era aquel home que laiaba por gañar tan pouco; aprendeu que había en Persépole corenta reis plebeos9 que tiñan en arrendo o imperio de Persia, e volvían algo desa renda ó monarca. CAPÍTULO VI Logo de xantar foi a un dos máis soberbios templos da cidade; sentou no medio dunha foulareda de mulleres e homes que viñeran alí gasta-lo tempo. Nunha máquina elevada apareceu un mago, que falou ben tempo do vicio e mais da virtude. O mago dividiu en varias partes o que escusaba ser dividido: probou metodicamente todo o que era claro, ensinou todo o que se sabía. Apaixonouse con frialdade, e acabou a suar e sen folgos. Daquela, acordou toda a asemblea, e coidou que asistira a unha lección. Babuc dixo: -Velaí un home que fixo canto puido para aborrecer a douscentos ou trescentos concidadáns seus; mais a súa intención era boa, e non dá pé para destruír a Persépole. Ó saír desta asemblea levárono a ver unha festa pública que daban tódolos días do ano; era nunha sorte de basílica, no fondo da cal se vía un pazo. As máis belas cidadás de Persépole, os sátrapas de máis consideración, arringleirados con orde, formaban un espectáculo tan belo que Babuc coidou ó primeiro que iso era toda a festa. Dúas ou tres persoas, que semellaban reis e raíñas, apareceron axiña no vestíbulo dese pazo; a súa linguaxe era ben diferente daquela do pobo; era mesurada harmoniosa, sublime. Ninguén durmía, escoitaban nun fondo silencio, que só era interrompido polos testemuños da sensibilidade e máis da admiración pública. A obriga dos reis, o amor da virtude, os perigos das paixóns, eran expresados por trazos tan vivos e tan tanxibles que Babuc verteu bágoas. Non dubidou de que aqueles heroes e aquelas heroínas, aqueles reis e aquelas raíñas que acababa de escoitar, fosen os predicadores do imperio; e mesmo se propuxo exhortar a Ituriel a que os viñese escoitar, ben certo de que un espectáculo semellante había reconcilialo de vez coa cidade. Ó que esta festa rematou, quixo ve-la raíña principal, que recitara naquel fermoso pazo unha moral tan sobria e tan pura; fixo que levasen ante a Súa Maxestade; levárono por unha escaleiriña, no segundo andar, a un apousento mal amoblado, onde atopou unha muller mal vestida, que lle dixo con actitude nobre e patética: -Este oficio non me dá para vivir; un dos príncipes que vistes fíxome un neno; hei parir de contado: non teño cartos, e sen cartos non se pare. Babuc deulle cen dáricos de ouro, dicindo: -De non haber outros males na vila, enganaríase Ituriel por se anoxar tanto. De alí foi pasa-la velada na casa duns mercadores de magnificencias inútiles. Un home intelixente, co que fixera coñecemento, levouno aló: mercou o que lle prougo, e vendéronllo con pulidez por ben máis do que valía. De volta á asa, o seu amigo fíxolle ver cánto o enganaban. Babuc puxo nas súas taburelas o nome do mercador, para que lle dese o seu merecido Ituriel o día do castigo da vila. Conforme escribía, petaron na porta: era o propio mercador que lle viña devolve-la bulsa, que Babuc deixara por descoido riba do seu mostrador. -¿El como é posible -preguntoulle Babuc- que sexades tan fiel e xeneroso logo de térde-la desvergoña de me venderde-las chilindradas catro veces por riba do que elas valen? -Non vos hai negociante ningún un algo coñecido nesta vila -respondeulle o mercador- que non vos viñese devolve-la vosa faldriqueira; mais enganáronvos ó dicírenvos que eu vos vendera o que collestes na miña tenda por catro veces máis do que el vale: vendínvolo a dez veces máis, e iso é tan certo que, se nun mes queredes revende-las cousas, non habedes obter nin sequera esa décima parte. Mais nada é máis xusto: é a fantasía dos homes a que pon o prezo a estas cousas frívolas; é esa fantasía a que fai vivir a cen obreiros que eu emprego, é ela a que me dá unha fermosa casa, un coche cómodo, cabalos; é ela a que anima a industria, a que mantén o bo gusto, a circulación e maila fartura. Véndolles ás nacións veciñas as mesmas lilainas máis caras que a vós, e por causa diso sonlle útil o imperio. Babuc, despois de matinar un pouco, riscou o mercador das súas taboíñas. CAPÍTULO VII Babuc, abondo incerto sobre o que debía pensar de Persépole, determinou ir ve-los magos e mailos doutos: pois que uns estudian a sabedoría, e os outros a relixión, e afagouno que estes acadasen gracia do resto do pobo. Na mañá seguinte trasladouse a un colexio de magos. O arquimandrita confesoulle que tiña cen mil escudos de renda por facer voto de pobreza, e que exercía un poder abondo amplo en virtude do seu voto de humildade, despois do cal, deixou a Babuc nas mans dun leigo que lle fixo as honras. Mentres ese leigo lle amosaba as magnificencias daquela casa de penitencia, espallouse a bouga de que el viñera para reformar todas aquelas casas. Ó dereito recibiu delas cadanseu memorial, e os memoriais dicían todos en substancia: conservádenos, e destruíde a tódolos outros. Se escoitasémo-las súas apoloxías, aquelas sociedades eran todas necesarias. De escoitármo-las súas acusacións recíprocas, todas elas merecían ser aniquiladas. Admirábase el de cómo non había ningunha delas que, para dar exemplo ó universo, non o quixese asoballar. Daquela, presentouse a el un homiño que era un semi-mago; e díxolle: -Ben vexo que se vai cumpri-la obra. Pois que Zerdust volveu á terra: as nenas profetizan facéndose bater coas tenaces por diante e co vergallo por detrás10 . De maneira que demandámo-la vosa protección contra o Gran Lama. -¡Cómo! -exclamou Babuc-. ¿Contra ese pontífice-rei que habita no Tíbet? -Contra ese mesmo. -¿Daquela facédeslle a guerra, e levantades exércitos contra el? -Non, amais de que o home é libre, e nós non cremos nada diso; escribimos na súa contra uns libriños que el non le: a penas sentiu falar de nosoutros: porén, fíxonos condenar do mesmo xeito que un amo manda quita-los vermes das árbores dos seus xardíns. Arrepiou a Babuc a loucura daqueles homes que facían profesión de sabedoría, das intrigas dos que renunciaran ó mundo, da ambición e mais da cobiza orgullosa dos que ensinaban a humildade e o desinterese; chegando á conclusión de que Ituriel tiña boas razóns para destruír toda aquela catropea. CAPÍTULO VIII Retirado á súa casa, mandou procurar libros novos para adoza-la súa mágoa, e convidou a xantar a varios eruditos para distraerse. Viñeron dúas veces máis dos que demandara, como as avésporas que o mel atrae. Estes parasitos bulían a comer e mais a falar; loaban a dúas castes de persoas: os mortos e eles propios; endexamais ós seus contemporáneos, fóra do dono da casa. Se algún deles dicía unha palabra ocorrente, os outros baixaban os ollos e ataniscaban os beizos coa dor de a non teren dito eles. Tiñan menos disimulo cós magos, pois que non tiñan tan grandes obxectos de ambición. Todos eles pretendían un posto de criado e mais unha reputación de grande home; dicíanse uns ós outros á cara cousas insultantes, que eles consideraban trazos de enxeño. Tiñan tamén algún coñecemento da misión de Babuc. Un deles pregoulle en baixiño que exterminase a un autor que non o loara abondo dende había cinco anos. Outro pediulle a perda dun cidadán que nunca rira coas súas comedias. Un terceiro demandou a extinción da Academia, porque non dera conseguido que o admitisen nela. Rematado o xantar, cadaquén foise só; pois non había en toda aquela tropa dous homes que puidesen aturarse, nin mesmo falárense en allur que na casa dos ricos que os convidaban á súa mesa. Babuc xulgou que non había ser grande o mal cando aquela xentalla perecese na destrucción xeral. CAPÍTULO IX Ó que se desfixo deles, púxose a ler nalgúns libros novos. Recoñeceu alí o enxeño dos seus convidados. Viu con indignación, sobre todo, esas gacetas da maledicencia, eses arquivos do mal gusto que a envexa, a baixeza e maila fame dictan; esas sátiras covardes onde se respectaba o voitre e se esgazaba a pomba; esas novelas carentes de imaxinación, onde vemos tantos retratos de mulleres que o autor non coñece. Cimbrou no lume todos aqueles noxentos escritos, e saíu para ir pasear na tardiña. E presentáronlle un vello literato que non viñera aumenta-lo número deses parasitos. Aquel literato fuxía sempre da multitude, coñecía os homes, puña en práctica este coñecemento e comunicábase con discreción. Babuc faloulle con mágoa do que lera e mais do que vira. -Leste cousas ben desagradables -díxolle o sabio literato-; mais en tódolos tempos, e en tódolos países, e en tódolos xéneros, o ruín inza e o bo anda escaso. Recibistes na vosa casa o refugallo da pedantería; pois que, en tódalas profesións, o que hai máis indigno de aparecer é sempre aquilo que se presenta co meirande impudor. Os verdadeiros sabios viven, entre si, retirados e tranquilos; aínda hai entre nós homes e libros dignos da vosa atención. No tempo en que así falaba xuntóuselles outro literato; os seus discursos foron tan agradables e tan instructivos, tan elevados por riba dos prexuízos e tan conformes coa virtude, que Babuc confesou que nunca escoitara nada semellante. -Velaí dous homes -dicía polo baixo- ós que o anxo Ituriel non ousará tocar, ou ha ser ben desapiedado. Reconciliado cos literatos, estaba sempre anoxado co resto da nación. -Sodes estranxeiro -díxolle o home asisado que lle falaba-; os abusos preséntanse ós vosos ollos a eito, e o ben, que está agachado e que resulta por veces mesmo deses abusos, escápasevos. Entón aprendeu el que entre os literatos había algúns que non eran envexosos, e que entre os propios magos habíaos virtuosos. Comprendeu ó cabo que eses grandes corpos, que semellaban preparar ó se enfrontaren á súa común ruína, eran no fondo institucións saudables, que cada sociedade era un freo para os seus rivais; que, se eses émulos diferían nalgunhas opinións, ensinaban todos a mesma moral, que instruían o pobo e vivían sometidos ás leis, semellantes ós preceptores que velan polo fillo da casa mentres que o amo vela por eles. Tratou con varios, e viu almas celestiais. Aprendeu aínda que entre os tolos que pretendían facerlle a guerra ó Gran Lama houbera moi grandes homes. Sospeitou en fin que podería acontecer cos costumes de Persépole coma cos edificios, algúns dos cales lle pareceran dignos de mágoa, e outros arroubárano de admiración. CAPÍTULO X Díxolle ó seu literato: -Sei moi ben que eses magos que coidara tan perigosos son, de certo, ben útiles, sobre todo cando un goberno asisado lles cuuta viraren por de máis necesarios; pero habédesme conceder tan sequera que os vosos mozos maxistrados que mercan un cargo de xuíz des que aprenderon a montar a cabalo, deben ostentar nos tribunais a máis ridícula das impertinencias e a máis perversa das iniquidades; máis valería, sen dúbida, dardes esas prazas gratuitamente a eses vellos xurisconsultos que gastaron toda súa vida en pesa-lo prol e o contra. O literato retrucoulle: -Víste-lo noso exército antes de chegardes a Persépole; sabedes que os nosos mozos oficiais bátense moi ben, aínda que mercasen os seus cargos; poida que vexades que os nosos maxistrados mozos non xulgan mal anque teñan pagado para xulgar. No día seguinte levouno el ó tribunal supremo, onde se debía dictar unha sentencia importante. A causa era coñecida para todo o mundo. Todos aqueles vellos avogados que falaban dela manifestábanse atariñantes nas súas opinións: alegaban cen leis, das que ningunha era aplicable ó fondo do asunto; miraban a cuestión por cen bandas, das que ningunha cadraba co seu verdadeiro aspecto; os xuíces decidiron máis axiña do que os avogados atariñaran. O seu xuízo foi case que unánime, xulgaron ben, porque seguían as luces da razón, e os outros opinaban mal, porque só consultaran os seus libros. Babuc chegou á conclusión de haber a miúdo boas cousas nos abusos. Viu nese mesmo día que as riquezas dos financeiros, que tanto o revoltaran, podían producir un efecto excelente; pois, cumpríndolle diñeiro ó emperador, atopouno nunha hora, por medio deles, cousa que non tería conseguido en seis meses polas vías ordinarias; viu que aqueles grosos nuboeiros, inzados do orballo da terra, devolvíanlle en choiva o que dela recibían. Alén diso, os fillos daqueles homes acabados de chegar, mellor educados a miúdo cós das familias máis vellas, valían ás veces abondo máis; pois nada couta ser bo xuíz, valente guerreiro ou estatista habelencioso cando se tivo un pai que sabe calcular. CAPÍTULO XI Sen o advertir, Babuc facía gracia da avidez do financeiro, que non é no fondo máis ávido cós outros homes, e que é necesario. Escusaba a loucura de se arruinar por xulgar e por baterse, loucura que produce grandes maxistrados e heroes. Perdoaba a envexa dos literatos, entre os que se atopaban homes que esclarecían o mundo; reconciliábase cos magos ambiciosos e intrigantes, entre os cales había máis aínda con grandes virtudes que con pequenos vicios; mais restábanlle ben de queixas, e sobre todo as louvamiñas das damas e as desolacións que debían se-la consecuencia enchíano de inquedanza e mais de espanto. Como el pretendía esculcar en tódalas condicións humanas, fixo que o guiasen ó despacho dun ministro; mais de camiño seguía a temer que algunha muller fose asasinada na súa presencia polo home dela. Chegado ó despacho do home de estado, ficou dúas horas na antecámara sen que o anunciasen, e outras dúas horas despois de anunciáreno. Ben se propoñía durante ese intervalo, recomendar ó anxo Ituriel tanto o ministro coma os seus insolentes porteiros. A antecámara estaba ateigada de donas de toda caste, de magos de tódalas cores, de xuíces, de mercadores, de oficiais, de pedantes; todos se queixaban do ministro. O avaro e mailo usureiro dicían: "sen dúbida este home rouba as provincias". O intrigante gabábase de velo axiña perdido por unha camarilla. As mulleres esperaban que lles puxesen axiña un ministro máis novo. Babuc escoitaba as súas verbas; non puido deixar de pensar: "Velaí un home abondo feliz; ten tódolos inimigos na súa antecámara, esmaga co seu poder a cantos o envexan; ve ós seus pés aqueles que o detestan." Entrou el ó cabo: viu un velliño cambado so o peso dos anos e mais das angueiras, mais aínda vívido e cheo de intelixencia11. Babuc agradoulle, e a Babuc pareceulle un home estimable. A conversa virou interesante, o ministro confesoulle que era un home ben malpocado, que pasaba por rico e que era pobre; que o crían todopoderoso e que sempre lle facían a contra; que só servira a ingratos, e que, nun labor continuado de corenta años, a penas tivera un momento de consolo. Babuc quedou abalado, e pensou que, de aquel home ter cometido erros, e de o anxo Ituriel querelo castigar, era escusado exterminalo; abondaba con lle deixa-lo seu posto. CAPÍTULO XII Mentres que falaba co ministro, entra bruscamente a linda dama na casa da que xantara. Víanse nos seus ollos e na súa fronte os síntomas da dor e máis da carraxe. Estoupou ela en reproches contra o home de estado; verteu bágoas; queixouse con acedume de que lle negaran ó seu marido un posto ó que o seu nacemento lle permitía aspirar, e que os seus servicios e as súas feridas merecían; expresouse con tanta forza, puxo tanta gracia nas súas queixas, destruíu as obxeccións con tanta habelencia, fixo vale-las razóns con tanta elocuencia, que non saíu do apousento sen face-la fortuna do seu marido. Babuc deulle a man. -¿É posible, señora -díxolle-, que tomasedes todo este traballo por un home que non amades e de quen tendes tanto que temer? -¿Un home que non amo? -exclamou ela-. Sabede que o meu marido é o mellor amigo que eu teño no mundo, que non hai cousa que eu non lle sacrifique, fóra do meu amigo, e unha muller cativante, chea de talento e do mellor carácter do mundo. Ceamos xuntas este serán co meu marido e mais co meu pequeno mago: vinde comparti-lo noso gozo. A dona levou a Babuc á casa dela. O marido, que chegara ó cabo ensumido na dor, volveu ve-la súa muller con transportes de ledicia e mais de gratitude; abrazaba, un tras doutro, á súa muller, á súa amiga, ó pequeno mago e mais a Babuc. A unión, a ledicia, o enxeño e maila gracia foron a alma daquela comida. -Aprendede -díxolle a fermosa dona da casa na que estaba a cear- que aquelas que chamaron por veces mulleres deshonestas teñen case que sempre o mérito dun home moi honesto; e, para vos convencer diso, vinde mañá xantar comigo á casa da linda Teone. Hai algunhas vellas vestais que a escachizan; mais ela fai máis ben cás outras todas por xunto. Non cometería a menor inxustiza polo meirande dos intereses; só lle dá ó seu amigo consellos xenerosos, e non se ocupa mais que da súa gloria; había el arrubiar diante dela, se deixase fuxir unha ocasión de face-lo ben; pois que nada encoraxa mellor ás accións virtuosas que termos por testemuña e mais por xuíz da propia conducta unha amiga da que queiramos merece-la estima. Babuc non fallou á cita. Viu unha casa na que reinaban tódolos praceres; Teone reinaba sobre eles; sabíalle falar a cada un na súa linguaxe. O seu enxeño natural puña ó seu vagar o dos outros; agradaba ela sen case o querer; era tan amable como benfeitora; e, o que medraba o prezo de tódalas súas boas calidades, era fermosa. Babuc, con todo o escita e todo o enviado dun xenio que fose, decatouse de que, se ficar aínda en Persépole, había esquecer a Ituriel por causa de Teone. Afeccionábase á cidade, cun pobo que era cortés, agarimos e benfeitor, aínda que lixeiro, maledicente e inzado de vaidade. Temía que Persépole fose condenada; temía mesmo o informe que ía render. Velaquí como se apañou el para render ese informe. Fixo que lle fixese o mellor fundidor da vila unha estatuíña composta de tódolos metais, das terras e das pedras máis viles, e levoulla a Ituriel: -¿El habedes escachar -díxolle- esta linda estatua, por ela toda non ser de ouro e diamantes?. Ituriel entendeu a alusión; determinou non pensar tan sequera en corrixir Persépole, e deixar ir "o mundo conforme el vai". Pois, dixo para si, "se todo non está ben, todo é pasadeiro". E deixouse que subsistise Persépole; e Babuc estivo ben lonxe de laiar, ó contrario de Xonás, que se alporizou porque non se destruíse Nínive. Mais, cando un botou tres días dentro do corpo dunha balea, non está de tan bo humor coma cando foi á ópera e mais á comedia e ceou en boa compaña. _________________________________________1Os escitas, vellos pobos do noroeste de Europa e mais do noroeste de Asia, invadiron Mesopotamia o s. VII a. C. e acabaron por se instalar ó norte do Ponto Euxino. A moda do bo salvaxe de Rousseau fixo que aparecesen na literatura europea; o propio Voltaire, que estreou en marzo do 1767 unha traxedia co título de Os Escitas, habíaos utilizar de novo en A princesa de Babilonia". Anque na tradición clásica representan o mundo bárbaro fronte ó civilizado, para Voltaire representan o home antimundano. Verbo do nome de Babuc, amais de nome bíblico, aparecía en As mile unha Noites e mais no Pantagruel de Rabelais, un dos escritores máis estimados por Voltaire. 2Nome bíblico de Babilonia. 3Polo barrio Saint-Marceau, por onde tamén entra Cándido, cunha descrición semellante. E o mesmo sentimento despectivo lle merece esa porta de entrada a Rousseau (Confisións, libro IV), quen cualifica as súas rúas de porcas e fedorentas, con aire fétido, casoupas negras e mais pobreza. 4Voltaire nomea así os poitevinos, habitantes da rexión francesa do Poitou ou Poitiers. 5Entre 1736 e 1739, Bouchardon había construirí-la fonte das Quatre-Saisons, na rúa de Grenelle. 6No edificio de Les Invalides. 7Un abade novo, "ser indefinible, que non é nin eclesiástico nin leigo; nunha palabra o que chaman uns abade, caste descoñecida en Inglaterra" (Cartas Filosóficas, V). 8Conselleiro do Parlamento, que, coma outros persoeiros influentes, era alcumado co nome de sátrapa. 9Alusión ós "Fermiers généraux", nome que levaban os recadadores de trabucos no vello réxime; que mercaban o dereito a cobrare-los tributos no nome do rei. 10Alusión ós convulsionarios xansenistas, que se aplicaban cilicios, vergallos e máis outras disciplinas. O Gran Lama da liña seguinte reférese ó papa. 11Voltaire está a pensar no Cardeal Fleury, que lle outorgou ó filósofo o seu favor de primeiras. Voltaire caeu en desgracia no 1739, e dende aquela o seu afecto polo político e cardeal estivo dividido, aínda que loou de cote a súa amabilidade, desinterese e moderación.
|