Voltar

Mahmud Darwish

Muhammad

Versión galega de Xavier Frías Conde

 

1

Muhammad

Acurúxase ao carón do pai, como paxaro asustado

Polo inferno que vén do ceo

– Protéxeme, pai, dos avións de alá arriba!

O meu delicto é lixeiro no ar... a luz tórnase preta.

2

Muhammad

Quere tornar para a casa,

Sen bicicleta... sen camisa nova...

Quere tornar ao escano da escola...

Ao caderno de contas e de gramática:

Pai, lévame á casa,

Quero estudiar as miñas leccións,

Quero medrar ao meu ritmo...

Na praia, baixo as palmeiras...

E máis nada, máis nada.

 

3

Muhammad

Enfróntase a un exército

Sen pedras ou fragmentos de planetas.

Non se fixa na parede

Cando nela escribiu:

«Non morrerá a miña liberdade»,

pois non ten liberdade que defender.

Non está máis aló da protección de Pablo Picasso.

Mais segue xurdindo,

Segue xurdindo aínda no nome que arrastra

As maldicións do nome.

Cantas veces xurdirá del mesmo

Ese neno que carece de nación,

Que carece de intres de infancia?

Onde soñara se retornan os soños,

E a terra é unha ferida

E un templo.

4

Muhammad

Ve como se lle abeira a morte implacábel,

Mais lembra un leopardo que vira no televisor,

Un forte leopardo que espreitaba unha cría de gacela.

Daquela chégalle o recendo do leite

E non a devora.

É como se o leite tivese domeado a fera.

Entón, fuxirei –di a gacela, mais laméntase:

A miña vida aquí se oculta,

No seo de miña nai. Sobrevivirei

E darei testemuña.

5

Muhammad

É un anxo pobre a pouca distancia do fusil

Do seu cazador de sangue frío.

Desde hai unha hora

A cámara segue os movementos da gacela

Que se fonde coa súa sombra:

O seu rostro é nidio, como un sacrificio,

O seu corazón é nidio, como unha mazá,

Os seus dez dedos son nidios, como a cera,

A humidade das súas calzas tamén é nidia...

O cazador tiña potestade de pensar de novo

E di: heino deixar mentres deletrea o nome da súa

Palestina sen erro,

Hei deixar que se decate que é un refén,

Hei matalo, mañá, cando se subleve.

6

Muhammad,

É un cristo pequeno que dorme e soña

No medio da icona

Feita de cobre,

Feita de póla de oliveira,

Feita de espírito dun pobo que acorda.

7

Muhammad

É máis sangue do que necesitan e demandan os profetas,

E o ascenso

Ata o máis alto cumio,

Oh, Muhammad.