Voltar

Edgar Allan Poe

Leonora

Tradución de Mayte Lorenzo

 

Edgar Allan Poe (Boston 1809-Baltimore 1849) era fillo de actores ambulantes. Logo de ser abandonado por seu pai e trala morte de súa nai, Poe quedou ó cargo dun mercador de Richmond. Durante a vida pasou por distintas etapas. Foi á universidade, alistouse no exército, editou xornais e dedicouse á literatura, acadando o éxito cos seus relatos breves.

O relato “Leonora” podemos sintetizalo nunha famosa frase de Poe: the most poetic theme was the death of a beautiful woman1 .

 

LEONORA

Sub conversatione formae specificae salva anima2 .
Raymond Lully

Descendo dunha raza coñecida por unha imaxinación enérxica e unha paixón ardente. Os homes chámanme tolo, pero aínda non está todo dito: se a loucura é a intelixencia supina ou non, se todo o que é glorioso, se todo o que é profundo non xorde da enfermidade da razón, do humor da mente exaltado á expensas do intelecto común. Aqueles que soñan de día coñecen moitas cousas que se lles escapan a aqueles que só soñan de noite. Nas súas grises visións entrevén a eternidade e, ó espertar, temen descubrir que estiveron preto do gran segredo. Pouco a pouco, aprenden algo da boa sabedoría, e moito máis do coñecemento común que é malo. Sen embargo, métense sen temón e sen norte no inmenso océano da “luz indescritible” e de novo, coma os aventureiros do xeógrafo nubio, agressi sunt mare tenebrarum, quid in eo esset exploraturi3 .

Digamos entón que estou tolo. Polo menos recoñezo que hai dúas condicións distintas na miña existencia mental: a condición dunha razón lúcida, que non é discutida, e que pertence á memoria dos acontecementos da primeira época da miña vida; e a condición da sombra e da dúbida que está relacionada co presente e coas lembranzas que conforman a segunda época. Polo tanto, crede o que vos vou contar do primeiro período; e ó segundo, dádelle o creto que vos mereza; ou dubidádeo por completo; ou se non podedes dubidar del, que conte Edipo a súa adiviñanza.

Ela, á que amei na miña mocidade, e sobre a que agora escribo con acougo e claridade estes recordos, era a única filla da única irmá de miña nai que en paz estea. Leonora era o nome da miña curmá. Sempre vivimos xuntos baixo o sol tropical do val da Herba Multicolor. Ningún sendeiro sen guía chegaba ata o val xa que está lonxe, rodeado por unha gran variedade de montañas inmensas que ocultan a luz do sol nos lugares recónditos máis agarimosos. Nas proximidades non se pisaba ningún camiño e, para chegar ó noso feliz fogar, era necesario colocar de novo con forza a follaxe dos milleiros de árbores do bosque e esmagar ata a morte as glorias de moitos millóns de flores aromáticas. Así que viviamos todos sos, eu, e mais a miña curmá, e mais a súa nai, sen saber nada do mundo alén do val.
Desde as escuras rexións máis aló das montañas situadas na parte alta que rodea ó noso dominio reptaba un río estreito e fondo. Era a cousa máis brillante endexamais vista, a excepción dos ollos de Leonora. E, serpeando sinuosamente no seu curso labiríntico, desaparecía por fin a través da garganta escura dos outeiros, aínda máis escuras ca aquelas de onde proviña. Chamámoslle o río Silencio pois parecía que había unha influencia silenciosa na súa corrente. Ningún murmurio xurdía do seu curso, e discorría tan xentilmente que as anacaradas pedriñas sobre as que nos gustaba mirar alá abaixo nas súas entrañas non se axitaban nada, senón que permanecían no contido inmóbil, cada unha na súa posición adoitada brillando para sempre.

Todos estes lugares, as beiras do río e dos abundantes e cegadores regatos que percorrían sinuosos camiños ata chegar ó seu curso, así como os espacios que se estendían desde as marxes ata que os fondos regatos acadaban o leito de pedriñas xunto con todo o val, desde o río ata as montañas que o rodeaban, estaban completamente alfombrados por unha herba mol e verde, grosa, curta, perfectamente uniforme, e recendendo a vainilla, pero tan mollada co ranúnculo amarelo, a margarida branca, a violeta morada, e a papoula vermella coma o rubí, que a súa excesiva beleza falaba en alto ós nosos corazóns do amor e da gloria de Deus.

E aquí e acolá, en arboredos preto desta herba, así coma nas xunglas dos soños, nacían árbores fantásticas con talos altos e delgados que non eran rectos, senón que se inclinaban maxestosamente na busca da luz que asomaba ó mediodía no centro do val. Tiñan a cortiza marxada entre o esplendor do ébano e da prata. E viña sendo a cousa máis suave endexamais tocada, excepción feita das meixelas de Leonora. De non ser polo verdor brillante das enormes follas que se estendían desde o alto nunhas liñas longas e trementes que coqueteaban cos céfiros, podíase pensar que eran as serpes xigantes de Siria que homenaxeaban ó Sol, o seu soberano.

Durante quince anos vaguei por este val collido da man de Leonora antes de que o Amor conquistase os nosos corazóns. Ocorreu nun serán ó remate do terceiro lustro da súa vida, e do cuarto da miña, cando sentamos e nos fundimos nunha aperta baixo as árbores con forma de serpe, e mirámo-lo noso reflexo nas augas do río Silencio. Non falamos nada durante o resto daquel día tan fermoso, e mesmo as nosas palabras foron escasas e tímidas ó día seguinte. Sacarámo-lo Deus Eros daquela onda, e agora sentiamos que espertaban en nós as feras almas dos nosos antepasados. As paixóns que durante séculos distinguiran a nosa raza fundíranse tamén coas fantasías que os caracterizaran, e xuntas respiraban unha delirante felicidade no val da Herba Multicolor. Transformáronse tódalas cousas. Unhas flores brillantes, aínda que estrañas con forma de estrela, naceron nas árbores onde non as houbera nunca. Os tons da alfombra verde fixéronse máis intensos e unha a unha foron desaparecendo as margaridas brancas aparecendo no seu lugar centos de papoulas vermellas coma o rubí. E a vida espertou no noso camiño xa que o flamengo, que nunca antes viramos co resto dos paxaros alegres e brillantes, exhibiu ante nós a súa plumaxe escarlata. O peixe dourado e prateado frecuentaba o río e das súas entrañas xurdía pouco a pouco un murmurio que crecía, por fin, nunha melodía relaxante máis divina ca aquela da arpa de Eolo, a máis doce endexamais escoitada, excepción feita da voz de Leonora. E agora tamén unha nube enorme, que viramos antes na rexión do Hesper, veu flotando desde alí. Era unha nube preciosa de cor carmesí e dourada, pousouse sobre nós e permaneceu no sitio día tras día cada vez máis baixa ata que os seus bordos descansaron no cumio das montañas, cambiando a cor tenue en esplendor, e choéndonos, coma se fose para sempre, nunha casa-prisión de grandiosidade e de gloria.

A beleza de Leonora era coma a dun serafín. Pero ela era unha doncela inocente e sen malicia ningunha coma a vida tan curta que tivo entre as flores. Ningunha astucia disimulaba o fervoroso amor que animaba o seu corazón, e descubriu comigo os lugares máis recónditos mentres paseabamos polo val da Herba Multicolor, e falou sobre os poderosos cambios que alí ocorreran.

Por fin, desde o día que falou chorando do último cambio triste que debe soporta-la Humanidade, viviu só para este tema tan doloroso. E entretecía en tódalas nosas conversas, coma nas cancións do bardo de Schiraz, as mesmas imaxes que se atopan continuamente en cada variación impresionante da frase.
Vira que o dedo da Morte a sinalaba e que, coma o efémero, ela era perfecta en beleza só para morrer. Pero o medo á morte recaía só nunha consideración que me confesou no ocaso dun serán á beira do río Silencio. Lamentaba que despois de soterrala no val da Herba Multicolor eu abandonase para sempre estes lugares recónditos, e que cambiase o amor tan apaixonado que sentía por ela por outra doncela do mundo exterior e eterno. E alí mesmo púxenme ós seus pés e fíxenlle unha promesa a ela e ó ceo. Prometinlle que non había casar con ningunha filla da Terra, que de ningún xeito a esquecería nin esquecería o devoto afecto que ela me ofrecera. E invoquei ó Todopoderoso do universo para que dese fe da solemnidade da miña promesa. E a maldición que invoquei del e dela, un santo en Helusión, era que, de non cumpri-la promesa feita, me impuxese un castigo tan espantoso que non podo contar neste documento. E os brillantes ollos de Leonora enchéronse con estas palabras e suspirou coma se lle quitase un peso de enriba e estremeceuse e choromicou amargamente. Pero aceptou a miña promesa (xa que non era máis que unha ¿nena?) e así a morte resultoulle máis doada. E días despois díxome mentres morría con tranquilidade que gracias ó que lle prometera, para tranquiliza-lo seu Espírito había coidar de min despois de morrer, e que se llo permitían, apareceríaseme nas vixilias; pero, se isto non lles era posible ás ánimas no Paraíso, entón daríame a miúdo indicacións da súa presencia quer suspirando sobre min nos ventos do serán, quer enchendo o aire que respirase co perfume dos botafumeiros dos anxos. E con estas palabras na súa boca, deixouse morrer. E así puxo fin á primeira época da miña vida.

O que contei ata aquí é totalmente certo. Pero trala morte da miña amada, prosigo coa segunda etapa da miña vida. Sinto coma se unha sombra me atordase o maxín e desconfío da completa sensatez deste documento. Pero deixádeme que vos conte. Os anos continuaron con certa dureza e aínda vivía eu no val da Herba Multicolor cando un segundo cambio se apoderou de tódalas cousas. As flores estreladas sumíronse nos talos das árbores e non volveron aparecer. Os tons da alfombra verde apagáronse e, unha a unha, as papoulas vermellas coma o rubí murcharon e alí no seu lugar naceron cubertas polo orballo centos de violetas escuras coma os ollos que se retorcían con inquietude. E a Vida abandonou o noso camiño xa que o alto flamengo non volveu exhibi-la súa plumaxe escarlata diante nosa, senón que voou con tristura desde o val ata ás montañas xunto con tódolos paxaros alegres e brillantes que chegaran na súa compaña. E o peixe dourado e prateado nadou río abaixo polo desfiladeiro ata o final do noso territorio e non volveu adorna-lo río nunca máis. E a relaxante melodía que era máis divina ca aquela da arpa de Eolo, e a máis doce endexamais escoitada, excepción feita da voz de Leonora, morreu pouco a pouco en murmurios que eran cada vez máis baixos, ata que por fin a corrente volveu por completo á solemnidade do seu silencio orixinal. E logo, por último, ergueuse a enorme nube e, abandonando o cumio das montañas á vella penumbra, regresou ás rexións do Hesper, e levou consigo do val da Herba Multicolor tódalas súas glorias douradas e magníficas.

Aínda non esquecín as promesas feitas a Leonora xa que escoitaba o abaneo dos botafumeiros dos anxos, e correntes de perfume bendito flotaban sempre polo val, e nas horas solitarias, cando o meu corazón latexaba con forza, os ventos que bañaban a miña fronte chegaban cargados de lenes suspiros, e vagos murmurios enchían a miúdo os ventos da noite; e unha vez, ¡só unha! espertei dun soño coma o soño da morte cuns beizos espirituais sobre os meus.

Pero, incluso aí, o baleiro do meu corazón refugou encherse. Devezo polo amor que o enchía antes ata desbordalo. Ó cabo, o val mancábame cos recordos de Leonora, e abandoneino para sempre polas vaidades e os triunfos turbulentos do mundo.


* * * * *



Atopábame nunha cidade estraña onde tódalas cousas podían servir para esquece-lo recordo dos soños tan doces que tiven no val da Herba Multicolor. A pompa e o esplendor da maxestosa corte, e o tolo estrondo das armas e a radiante beleza das mulleres desconcertou e intoxicou á miña mente. Pero a miña alma resultara fiel ás promesas, e as indicacións da presencia de Leonora aínda aparecían no silencio da noite. De súpeto, estas manifestacións pararon e o mundo escureceuse diante dos meus ollos e permanecín aterrado ante os violentos pensamentos que me posuían e ante as terribles tentacións que me asaltaban, xa que alí, á corte do rei que eu servía, chegou dunha terra remota unha doncela de tal beleza que o meu corazón se rendeu de inmediato. Sen ningunha loita púxenme ós seus pés co máis ardente, co máis vil desexo de amor. A paixón que sentía pola rapaza do val en comparación co fervor, co delirio e o éxtase que me elevaba o espírito de adoración era tal que puxen a miña alma enteira en bágoas ós pés de etérea ¿Ermengarde? ¡Oh, luminoso serafín Ermengarde! E no meu coñecemento non tiña cabida ninguén máis. ¡Oh, divino anxo Ermengarde! E cando miro no fondo dos seus monumentais ollos penso só neles e nela.

Casei. Non temín o castigo que invoquei e o seu resentimento non caeu sobre min. E unha vez, pero de novo só unha vez no silencio da noite, chegaron á miña celosía os lenes suspiros que me abandonaran e transformándose nunha voz familiar e doce dixeron:

—¡Durme en paz! Xa que o Espírito do Amor reinou e gobernou, e levando o teu corazón apaixonado a Ermengarde fuches absolto das túas promesas a Leonora por razóns que coñecerás no Ceo.

 

 

1.‘the most...woman’: a morte dunha muller fermosa era o tema máis poético’, Poe, Edgar Allan (1998) Edgar Allan Poe. Selected Tales, Oxford University Press, Introduction: xvi.

2.Sub ... anima: A alma está a salvo baixo a protección dunha forma específica.

3.‘agressi ... exploraturi’: entraron no mar das sombras [océano Atlántico]para descubri-lo que hai nel.


© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2004
© da tradución Mayte Lorenzo, 2004