Voltar

Jonathan Swift

Unha humilde proposta.

Para evitar que os nenos pobres de Irlanda sexan unha carga para os seus pais ou país e para que o Estado se beneficie deles.

Traducción de Marifé Vega Alba

 

Para aqueles que camiñan pola gran cidade ou viaxan polo país é unha verdadeira mágoa ve-las rúas, estradas e portas das casas ateigadas de mendigas seguidas de tres, catro ou seis fillos, todos farrapentos e amolando a tódolos transeúntes para pedirlles unha esmola. Esas nais, no canto de traballaren para conseguir unha vida digna para elas, vense obrigadas a empregar todo o seu tempo en deambular pedindo sustento para os seus fillos indefensos, os cales, cando medran, ou se volven ladróns pola falta de traballo ou deixan o seu querido país nativo para loitar polo Pretendente de España ou se venden en Barbados.

Creo que é unha opinión xeneralizada que esta morea de nenos nos brazos, nas costas ou ós pés das súas nais, e a miúdo nos dos seus pais, é unha inxustiza máis deste reino que actualmente se atopa nun estado lamentable e, polo tanto, quen puidese atopar un método xusto, barato e doado para que estes nenos sexan sans e membros útiles da comunidade merecería tanto o recoñecemento por parte do Estado como que se lle fixese unha escultura por ser un protector da nación.

Sen embargo, a miña intención vai alén de limitarme a axudar ós fillos dos supostos mendigos; vai moito máis alá e abranguerá o total de nenos dunha determinada idade que nacen de pais tan incapaces de mantelos como aqueles que nos piden esmola polas rúas.

A min, que pensei durante moitos anos neste tema importante e sopesei fondamente os varios planos doutros pensadores, sempre me pareceu que había grandes erros nos cálculos. É verdade, un neno acabado de nacer, pode ser alimentado durante só un ano co leite da súa nai e con poucos outros alimentos avaliados como moito en máis de dous xilíns, que de seguro a nai é quen de conseguilos, ou avaliados en sobras, debido ó traballo lexítimo da nai de mendigar; e é exactamente a idade dun ano cando eu propoño alimentalos, de modo que en lugar de seren unha carga para os seus pais ou a parroquia ou necesitaren alimento e vestimenta durante o resto das súas vidas, pola contra, contribuirán a alimentar, e en parte a vestir, a moitos milleiros.

Tamén existe outra gran vantaxe no meu plano; este evitará os abortos voluntarios e esa arrepiante práctica das mulleres (¡desafortunadamente demasiado frecuente ente nós!) de asasina-los seus fillos bastardos sacrificando a eses pobres meniños inocentes, e sospeito que é máis para evita-lo gasto que a vergoña, que provocaría bágoas e dor no peito máis salvaxe e inhumano.

O número de almas calculadas normalmente neste reino é un millón e medio e estimo que dese millón e medio pode haber unhas duascentas mil parellas nas que as mulleres son criadoras; a ese número réstolle trinta mil parellas que son capaces de mante-los seus propios fillos, aínda que son consciente de que non poden ser tantas polos sufrimentos que actualmente existen no reino. Mais, dado que así sexa, aínda quedarían cento setenta mil criadoras. Subtraio de novo cincuenta mil por esas mulleres que abortan ou que teñen fillos que morren nun accidente ou por enfermidade antes dun ano. Soamente quedan cento vinte mil nenos nados de pais pobres ó ano.

Polo tanto, a pregunta é cómo se criará e se alimentará esa cantidade de nenos, feito que, como xa mencionei, debido á situación actual dos acontecementos, é completamente imposible se empregamos tódolos métodos ata o de agora propostos.

Como non os podemos empregar na artesanía nin na agricultura, tampouco construírlles casas (quero dicir no campo) nin cultiva-la terra; poucas veces deben gaña-la vida roubando, ata que teñen seis anos, agás se son moi espelidos, aínda que confeso que aprenden os rudimentos moito antes. Sen embargo, durante ese tempo só poden ser considerados aprendices, como me dixo un importante cabaleiro do condado de Cavan, e tamén me afirmou que nunca soubo de máis de un ou dous exemplos de rapaces menores de seis anos, incluso nunha parte do reino con moita sona pola máis rápida competencia nesa arte. Os mercadores aseguráronme que un neno ou unha nena antes dos doce anos non é unha mercadoría vendible e, incluso cando teñen esta idade, non producen máis de tres libras, ou como moito, tres libras e media coroa ó cambio, o que nin sequera beneficiará ós pais ou ó reino, pois o alimento e os farrapos custan polo menos catro veces máis.

Polo tanto, propoño humildemente os meus propios pensamentos e espero que non estean suxeitos á mínima obxección.

Un coñecido americano moi ben informado aseguroume en Londres que un neno saudable e ben aleitado é, á idade dun ano, do máis rico, nutritivo e san, xa sexa estufado, asado, enfornado ou cocido; e estou seguro de que tamén valería para facer fricasé ou un guiso.

Polo tanto, propoño humildemente isto á consideración do Estado: dos cento vinte mil nenos xa calculados, vinte mil poden reservarse para procrear, deses só unha cuarta parte son machos, que é máis do que lle permitimos ás ovellas, ó gando ou ós porcos; e o meu razoamento é que eses nenos rara vez son froito dun matrimonio, circunstancia que os nosos salvaxes non consideran moito, así que un macho será suficiente para servir a catro femias. Os cen mil que quedan poden, á idade dun ano, venderse por todo o reino ás persoas ricas ou da aristocracia, advertíndolle sempre á nai que os aleite durante o último mes para que estean repoludos e gordechos á hora de servilos nunha boa mesa. O neno dará para dous pratos de entretemento para os amigos, e se a familia cea soa, chegará coa parte dianteira e traseira. Ademais, ó cuarto día poderá cocerse adobado cun pouco de pementa ou sal, especialmente no inverno.

Calculei segundo unha media que o neno acabado de nacer pesará doce libras e, só nun ano se é aleitado regularmente, aumentará ata as vinteoito.

Dou por sentado que este alimento será algo careiro e, polo tanto, moi axeitado para os propietarios que, como xa devoraron a maioría dos seus parentes, semellan ter máis dereito ós nenos.

A carne de meniño poderase comer durante todo o ano, pero abundará máis en marzo e tamén un pouco antes e despois deste mes; porque un autor serio, un distinguido físico francés, díxome que o peixe era unha dieta fértil; nacen máis nenos nos países romano-católicos nove meses despois da Coresma que en calquera outro período; polo tanto, calculando un ano despois da Coresma, os mercados estarán máis ateigados do habitual porque o número de nenos papistas é alomenos de 3 a 1 neste reino; e ademais terá outra vantaxe ó diminuí-lo número de católicos entre nós. Calculei que aleita-lo neno dun mendigo (na lista inclúo tódolos aldeáns, labregos e catro quintos dos granxeiros) custaba dous xilíns máis ou menos por ano, farrapos incluídos, e creo que ningún cabaleiro sería reticente a dar dez xilíns polo cadáver dun bo neno repoludo que, como xa dixen, dará para catro pratos de excelente carne nutritiva cando veña a comer só un amigo ou a súa familia. Deste xeito, o cabaleiro aprenderá a ser un bo propietario e será popular entre os seus arrendatarios; a nai recibirá un beneficio neto de oito xilíns e estará disposta a traballar ata que teña outro fillo.

Os máis aforradores (e debo confesar que os tempos o esixen) poden esfola-lo corpo; coa pel artificialmente curtida faranse magníficas luvas para as mulleres e botas de verán para os cabaleiros elegantes. En canto á nosa cidade de Dublín, poderanse situar matadoiros nos sitios máis axeitados para levar a cabo esta idea e podemos estar seguros de que non se necesitarán carniceiros, aínda que recomendo compra-los nenos vivos e preparalos co coitelo quente coma os porcos asados. Unha persoa moi valiosa, un verdadeiro amante desta cidade e de quen aprecio moitísimo as súas virtudes, compracíase ultimamente, ó falarmos do tema, en ofrecer un refinamento ó meu plano. Dixo que moitos cabaleiros deste reino, ó aniquilaren recentemente os seus cervos, imaxinaban que a falta de carne de veado podería substituírse polos corpos de mozos e mozas que non tivesen máis de catorce anos nin menos de doce, pois en tódolos países unha cantidade tan grande de ámbolos sexos está a piques de morrer por falta de traballo e oficio; os que se desfarían deles serían os pais, se están vivos, ou se non os parentes máis achegados. Mais, co debido respecto a un excelente amigo e tan merecido patriota, non son da mesma opinión, pois un amigo americano aseguroume por experiencia que a carne dos machos era polo regular dura e graxenta, coma a dos nosos rapaces debido ó continuo exercicio, e que tiña un sabor desagradable. Ademais, cebalos non xustificaría o gasto. En canto ás femias, creo con humilde opinión que serían unha perda para o Estado, porque axiña se converterían en criadoras e ademais, é probable que algunha xente escrupulosa estea disposta a censurar esa práctica (aínda que, de feito, moi inxustamente) porque se aproxima un pouco á crueldade, o que confeso sempre foi para min a máis forte obxección contra calquera proxecto, por moi ben intencionado que el sexa.

Sen embargo, o meu amigo para desculparse confesou que quen lle metera a idea na cabeza fora o famoso Psalmanazar, un nativo da illa de Formosa que veu dende alí ata Londres hai uns vinte anos e que, conversando, lle dixo que no seu país, cando unha persoa era sentenciada a morte, o verdugo vendía o cadáver como un manxar de primeira clase ás persoas da aristocracia; e que nos seus tempos o cadáver dunha nena gordecha de quince anos, crucificada por intentar envelenar ó emperador, vendeuse ó primeiro ministro da súa maxestade imperial e a outros mandaríns da corte en anacos de a catrocentas coroas. De feito, non podo negar que de se face-lo mesmo coas rapazas gordechas desta cidade, que se non ven unha moeda de catro peniques nas súas fortunas non se erguen da cadeira, e aparecesen no teatro e nas asembleas con alfaias estranxeiras que nunca poderán pagar, non sería o peor reino.

Algunhas persoas tristes de espírito están moi preocupadas pola enorme cantidade de xente pobre que está vella, enfermiza ou eivada e vinme obrigado a pensar no que se debe facer para alivia-la nación dunha carga tan pesada. Mais non sinto a mínima mágoa por este asunto porque xa se sabe ben que tódolos días hai xente morrendo e podrecendo por mor do frío e da carpanta, da roña e dos bichocos, máis rápido do que normalmente se podería esperar. En canto ós novos labregos, direi que estes atópanse nunha situación prometedora porque non conseguen traballo e, como consecuencia, languidecen por falta de alimento ata tal punto que se, de súpeto, alguén os contratase para realizar un traballo habitual, non terían forzas para facelo; e así, tanto o país como eles son felizmente liberados do mal que ha vir. Levo divagando demasiado tempo, así que volvamos ó cerne do asunto. Creo que as vantaxes da proposta que fixen son obvias e moitas, así como de maior importancia.

En primeiro lugar, como xa observei, minguaría moitísimo o número de papistas, que nos superan cada ano, sendo os principais reproductores da nación así como os nosos peores inimigos e os que fican nos seus fogares co propósito de entregárenlle o reino ó Pretendente, esperando que aproveite a ausencia de moitos protestantes bos que preferiron deixa-lo país antes que ficar no lar e pagar décimos en contra das súas conciencias a un bispo.

En segundo lugar, os arrendatarios máis pobres terán algo valioso de seu, que, de acordo coa lei, se podería confiscar e co que se axudaría a paga-la renda dos seus propietarios, o millo e o gando que xa se lles embargara, e os cartos que descoñecían.

En terceiro lugar, visto que a mantenza de cen mil nenos, a partir dos dous anos de idade, non se pode calcular por menos de dez xilíns a peza por ano, o capital da nación aumentará cincuenta mil libras por ano, ademais do beneficio de presentar un novo prato na mesa de tódolos cabaleiros ricos do reino que teñan un mínimo gusto refinado. O diñeiro circulará entre nós e os bens serán integramente da nosa producción e fabricación.

En cuarto lugar, os criadores permanentes, ademais de gañaren oito xilíns por ano coa venda dos fillos, xa non terán que alimentalos durante o primeiro ano.

En quinto lugar, este alimento atraerá grandes clientes ás tabernas, onde os viñateiros serán do máis prudentes á hora de procura-las mellores receitas para preparalo á perfección, e, como consecuencia, os cabaleiros refinados frecuentarán as súas tabernas e valoraranse polo seu coñecemento no bo comer; e un cociñeiro experto, que saiba como comprace-los seus clientes, hase amañar para cobrar todo o que queira.

En sexto lugar, isto sería un grande acicate para o matrimonio, fomentado mediante premios ou imposto mediante leis e penas por tódalas nacións civilizadas. Aumentaría o coidado e a tenrura por parte das nais cara ós fillos, ó asegurárense estas que, pola vida dos pobres meniños, obterían, no lugar de gastos, un aumento salarial nos seus beneficios anuais proporcionado dalgún xeito polo Estado. Deberiamos ver unha verdadeira emulación entre as mulleres casadas, para saber quen delas levaría ó mercado o meniño máis repoludo. Os homes tomaríanlle tanto cariño ás súas mulleres durante o embarazo como llo teñen ás súas eguas e vacas preñes e ás porcas cando están a piques de parir; e non lles baterían nin lles darían patadas (porque é unha práctica moi frecuente) por medo a un aborto.

Poderíanse enumerar moitas outras vantaxes. Por exemplo, a suma dalgúns milleiros de reses mortas á nosa exportación de carne en bocoi, a difusión da carne de porco, e unha mellora na arte de face-lo bo touciño, demasiado frecuente nas nosas mesas, que tanto necesitamos debido á destrucción dos porcos, que de ningunha maneira se poden comparar en sabor ou grandiosidade a un neno grande, repoludo e acabado de nacer, que asado chegará de abondo no festín dun alcalde ou noutro espectáculo público. Mais omito este e moitos outros datos, para resumir. Despois de todo, non estou tan obcecado na miña opinión como para rexeitar algunha proposta dun home sabio, que será igual de inocente, barata, doada e válida. Mais, antes de que se poida formular algo así que contradiga o meu plano e que ofreza un mellor, quero que o autor ou autores teñan o gusto de considerar sensatamente dúas cuestións:

Primeiro, tal como están as cousas, ¿como poderán atopar alimento e vestimenta para cen mil bocas inútiles?

Segundo, habendo un millón máis ou menos de criaturas humanas por todo este reino, a súa subsistencia posta á venda en común quedaría cunha débeda de dous millóns de libras esterlinas, sumando tanto aqueles que son mendigos de profesión como a maioría dos granxeiros, aldeáns e labregos coas súas mulleres e fillos que, de feito, tamén son mendigos. Quero que aqueles políticos ós que non lles guste a miña proposta, e quizais ousen responder, que primeiro lle pregunten ós seus pais se hoxe eses mortais non estarían contentos de térense vendido por comida, cando tiñan un ano de idade tal como eu recomendei, e de teren evitado este contino mundo de desgracias, tales como seren sometidos a opresión dos propietarios, a imposibilidade de paga-la renda sen cartos ou oficio, a falta de sustento habitual, sen casa nin roupa para protexelos das inclemencias do tempo, e a inevitable consecuencia de legárenlle as mesmas ou máis grandes miserias á súa descendencia para sempre.

Manifesto, co corazón na man, que non teño o mínimo interese persoal en esforzarme por promover este traballo necesario, xa que o único motivo é o ben público para o meu país, mellorando os empregos, alimentando os nenos, aliviando os pobres, e dándolles algún pracer ós ricos. Non teño fillos cos que poida conseguir un só penique, pois o máis novo ten nove anos e a miña muller xa non está na idade.