Voltar

Anónimo

O home de vida inexplicable

Versión galega de Amir Reza

 

 

Había unha vez un home chamado Mojud. Vivía nunha vila onde obtivera un posto como funcionario público e parecía que ía remata-los seus días como inspector de pesos e medidas.

Un día, mentres camiñaba polos xardíns dun antigo edificio preto do seu fogar, Khidr, o misterioso guía dos sufís, aparecéuselle vestido dun verde refulxente e díxolle:

–Home de brillantes perspectivas! Deixa o teu traballo e búscame á beira do río dentro de tres días.

Despois desapareceu.

Desacougado, Mojud foi onda ó seu superior e díxolle que debía marchar.

Soubérono tódolos da vila e dixeron:

–Pobre Mojud! Toleou.

Pero como había moitos candidatos para o seu posto, esquecérono axiña.

O día acordado, Mojud buscou a Khidr e este díxolle:

–Quita a roupa e bótate ó río, quizais te salve alguén.

Así o fixo Mojud, aínda que se preguntaba se non estaría tolo. Como sabía nadar, non afogou, pero a corrente arrastrouno un longo treito ata que un pescador o subiu a súa barca dicindo:

–Home insensato! A corrente é forte. ¿Que estás tratando de facer?

Mojud contestou:

–Realmente, non o sei.

–Estás tolo! –dixo o pescador–, pero voute levar á miña cabana de xuncos alén do río e veremos qué se pode facer por ti.

Cando descubriu que Mojud era un home instruído, aprendeu con el a ler e a escribir. Ademais, Mojud axudaba ó pescador no seu traballo e a cambio recibía alimento.

Pasados uns meses, de novo apareceu Khidr, esta vez ó pé da cama de Mojud, e díxolle:

–Érguete agora e deixa a este pescador. Proveráseche o necesario.

Mojud abandonou de contado a cabana, vestido coma se fose un pescador e deambulou ata que chegou a un camiño. Ó rompe-la alba viu a un granxeiro no seu asno que ía cara ó mercado.

–Buscas traballo? –preguntou o granxeiro–. Porque preciso de alguén que me axude a transportar algunhas mercadorías.

Mojud seguiuno. Traballou para o granxeiro case dous anos e nese tempo aprendeu moito sobre agricultura, pero máis nada.

Unha tarde, mentres estaba embalando la, Khidr aparecéuselle e díxolle:

–Deixa o teu traballo, camiña deica a cidade de Mosul e usa os teus aforros para te converteres en mercador de peles.

Mojud obedeceu e fíxose famoso en Mosul como mercador de peles e, durante os tres anos que exerceu o seu oficio, nunca viu a Khidr.

Aforrara unha morea de cartos e estaba pensando en mercar unha casa, cando Khidr se lle apareceu e lle dixo:

–Dáme o teu diñeiro, deixa esta vila e vai para a afastada cidade de Samarkanda e traballa alí para un almacenista.

Así o fixo Mojud e, naquela época, comezou a amosar indubidables sinais de iluminación. Mentres traballaba no almacén, curaba ós enfermos e axudaba ós seus semellantes cando tiña tempo libre, e o seu coñecemento dos misterios fíxose máis e máis profundo.

Visitábano clérigos, filósofos e outros e preguntábanlle:

–Con quen estudiaches?

–É difícil dicilo –contestaba Mojud.

Os discípulos preguntábanlle:

–Como comezáche-la túa carreira?

El contestaba:

–Como funcionario público.

–E abandonáchelo para dedicarte a sacrificios e mortificacións?

–Non, simplemente abandoneino.

Eles non o entendían.

A xente achegábaselle para escribi-la historia da súa vida e preguntáballe:

–Que fuches na túa vida?

–Boteime a un río, convertinme en pescador, despois abandonei a cabana de xuncos en medio da noite. Despois fíxenme granxeiro. Cando estaba embalando la, cambiei e fun a Mosul, onde me convertín en mercador de peles. Alí aforrei algúns cartos, pero deinos. Despois camiñei ata Samarkanda e traballei para un almacenista e velaquí estou agora.

–Pero este inexplicable comportamento, non bota ningunha luz sobre os teus estraños dons e marabillosos exemplos –dixeron os biógrafos.

–Así é –dixo Mojud.

De modo que os biógrafos inventaron unha historia marabillosa e fascinante sobre Mojud xa que tódolos santos deben te-la súa historia e a historia debe estar feita segundo o gusto do oínte e non segundo as realidades da vida.

E a ninguén se lle permite falar de Khidr directamente. É por iso polo que esta historia non é verdadeira, é a representación dunha vida. É a vida real dun dos máis grandes sufís.

 

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2005
© da tradución Amir Reza, 2005