| 1 De certo que a morte produce unha metamorfose máis importante do que xamais se puidese imaxinar. Mentres que polo xeral o espírito que partiu regresa de cando en cando, e ás veces mesmo é visto polos carnais —aparecéndose na forma do corpo que en vida ocupou—, con todo, ten acontecido tamén que quen vagou foi o verdadeiro corpo sen o espírito. E afirman as testemuñas de tales aparicións que puideron sobrevivir para contalo, que un espectro así resucitado non amosa sentimento humano ningún, nin recordos del mesmo, senón só odio. Ademais, sábese dalgúns espíritos que en vida foron benignos pero que se volveron coa morte completamente malignos: INFERNO. Nunha escura noite en pleno verán, un home, en acordando nunha fraga dun pracenteiro sono, levantou a cabeza do chan e, fixando a vista brevemente na escuridade, dixo: "Catharine Larue". Non dixo máis nada; nin el mesmo deu entendido por qué razón pronunciara ese nome. O home chamábase Halpin Frayser. Vivía en Santa Helena, pero onde o fai arestora non se sabe, pois está morto. Alguén que acostuma durmir nas fragas sen nada debaixo agás as follas secas e a terra húmida, e sen nada enriba agás as pólas das que as follas caeron e o ceo do que a terra caeu, non pode agardar unha gran lonxevidade, e Frayser xa cumprira trinta e dous anos. Hai persoas neste mundo, millóns de persoas, e con moito as mellores, que consideran que esa é unha idade ben avanzada. Son os nenos. Para os que observan a viaxe da vida desde o porto de partida, o barco que navegou unha distancia apreciable xa semella estar arribando ao porto máis afastado. Con todo, non é certo que a Halpin Frayser lle sobreviñese a morte por hipotermia. Pasara todo o día nos outeiros situados ao oeste do Val de Napa, á procura de pombas e doutra caza menor de temporada. Á atardecida o ceo anubrara e el desnortárase. Malia que só tiña que camiñar monte abaixo —sempre o camiño máis seguro cando un se perde—, a ausencia de carreiros dificultáralle tanto a baixada que a noite o sorprendeu cando aínda estaba na fraga. Incapaz na escuridade de atravesar as matogueiras de macela e demais breña, completamente abouxado e vencido pola fatiga, deitárase preto da raíz dun voluminoso érbedo e caera nun pracenteiro sono. Foi horas despois, xa sendo noite pecha, cando un dos misteriosos mensaxeiros de Deus, planando á fronte da súa incalculable hoste de compañeiros, a cal se desprazaba maxestosa cara ao oeste coa luz do alborecer, pronunciou a palabra do espertar no oído do dormente, quen se incorporou e pronunciou un nome, non sabía por qué, non sabía de quen. Halpin Frayser non tiña moito de filósofo, nin tampouco de científico. O feito de que, en acordando dun pracenteiro sono durante a noite no interior dunha fraga, pronunciara en voz alta un nome do que non tiña recordos e que a penas tiña en mentes, non espertou nel ningunha esclarecedora curiosidade por investigar o fenómeno. Considerouno estraño e, cun pequeno e espontáneo estremecemento, como en sinal de respecto a unha presunción de que nesa época do ano a noite ía ser xélida, deitouse de novo e volveu durmir. Pero o seu sono xa ía deixar de ser pracenteiro. Soñou que ía andando por un camiño poeirento que se amosaba branco na crecente escuridade dunha noite de verán. Descoñecía de onde procedía e a onde conducía, e por qué camiñaba por el, aínda que todo parecía simple e natural, como adoita suceder nos soños, pois na Terra de Máis Alá da Cama as sorpresas non perturban e o xuízo descansa. Ao pouco chegou a unha bifurcación do camiño: do principal nacía unha pista menos transitada que, de feito, tiña a aparencia de levar tempo abandonada porque, pensou, conducía a algo malvado; así e todo, colleuna sen dubidar, apurrado por certa necesidade imperiosa. Segundo avantaba advertiu que o seu andar estaba a ser esculcado por seres invisibles que non era quen de representar na súa mente con claridade. De entre as árbores que se alzaban ás dúas beiras do camiño percibiu entrecortados e incoherentes murmurios nunha lingua que, malia ser estraña, entendía en parte: parecéronlle pronunciamentos fragmentados que formaban parte dunha monstruosa conspiración contra o seu corpo e a súa alma. Anoitecera xa había tempo, e, con todo, a interminable fraga que atravesaba estaba iluminada por unha tenue e pálida luz que non tiña punto de difusión ningún, pois na súa misteriosa luminosidade nada proxectaba sombra. Un charco pouco profundo, como de chuvia recente, que se formara nuns sucos enlamados vestixio do paso de rodas por unha antiga rota, chamou a atención dos seus ollos cun resplandor carmesí. Parou e introduciu nel unha man. Os dedos saíron luxados: ¡era sangue! Había sangue, entón decatouse, todo ao seu redor. As herbas que agromaban abondosas á beira do camiño amosábano en manchas e salpicaduras nas súas follas, grandes e anchas. As franxas de po seco entre os sucos formados polas rodas estaban salferidas como por unha chuvia vermella. Amplas máculas de color carmesí luxaban os troncos das árbores, e o sangue pingaba da súa follaxe coma se orballo for. Percibiu todo isto cun pánico que non parecía incompatible coa impresión que tiña de estar a cumprir con algo que levaba tempo agardando. Pensou que todo acontecía en expiación dalgún pecado que, aínda sendo consciente da súa culpabilidade, non podía recordar ben. A súa consciencia converteuse nunha angustia que acrecentaba as ameazas e os misterios do que o rodeaba. Intentou, repasando coa memoria a súa vida, reproducir o momento do seu pecado, pero o seu esforzo foi en balde: escenas e incidentes foron amoreándose tumultuosamente na súa mente, unha imaxe borrando a anterior, ou mesturándose con ela na confusión e a escuridade, mais en ningures deu atopado vestixio ningún do que buscaba. O fracaso aumentou o seu terror: sentiuse alguén que asasinara na escuridade sen saber a quen nin por qué. Tan arrepiante era a situación –a misteriosa luz que se consumía constituíndo unha ameaza tan silenciosa e horrenda; as velenosas plantas e as árbores que de mutuo acordo se investían dunha natureza sinistra ou melancólica, conspiraban tan abertamente contra a súa paz ante os seus ollos; de riba del e de todas as partes chegaban murmurios tan audibles e estarrecedores, e suspiros emitidos por criaturas tan claramente sobrenaturais– que xa non puido soportala máis e, cun grande esforzo para romper algún meigallo maligno que estaba a cinguir as súas facultades ao silencio e á inactividade...¡berrou con todas as forzas dos seus pulmóns! A súa voz, que parecía se desfixera nunha infinda multitude de sons descoñecidos, foise balbucindo e tatexando cara aos distantes recantos da fraga, esvaeceuse de vez, e todo volveu ser como ao principio. Pero acababa de demostrar a súa capacidade de opoñer resistencia, e, sentíndose con pulos anovados, dixo: "Non me renderei sen ser escoitado. Pode haber poderes que non sexan malignos deambulando por este camiño maldito. Heilles deixar o meu testemuño e unha súplica. Relataréilles as miñas penurias, as persecucións que sufrín; ¡eu, un mortal indefenso, un penitente, un poeta inofensivo!". Halpin Frayser era un poeta só cando era un penitente: no seu soño. En collendo da súa roupa unha pequena axenda de coiro vermello, da cal a metade destinaba a diario, descubriu que estaba sen pluma. Arrincou unha poliña dun arbusto, mollouna nunha pucharca de sangue e púxose a escribir rapidamente. Apenas tocara o papel coa punta da poliña cando unha baixa pero selvaxe gargallada se oíu a unha distancia incalculable e, facéndose cada vez máis audible, parecía que se aproximaba máis e máis: era unha risa sen alma, sen corazón, triste, coma a do mergullón, solitario na beira da lagoa a media noite; unha risa que culminaba nun bramido sobrenatural emitido moi preto, e que logo ía morrendo aos poucos, coma se o maldito ser que a producía se retirase á lindeira do mundo do que procedía. Pero Frayser sabía que non era así: que estaba cerca e que non se movera. Unha estraña sensación comezou a se apoderar lentamente do seu corpo e da súa alma. Non sabería dicir a cal dos seus sentidos, se a algún deles, afectaba: sentíaa máis ben como unha consciencia –unha misteriosa certeza mental dalgunha presenza todopoderosa—, algunha malevolencia sobrenatural diferente en forma das criaturas invisibles que pululaban sobre el e superior a estas en poder. Sabía que ela emitira aquela arrepiante gargallada. E agora todo indicaba que se lle aproximaba; descoñecía dende que dirección e tampouco se atrevía a facer conxecturas. Todos os seus temores anteriores quedaron esquecidos ou sumáronse ao xigantesco terror que agora o escravizaba. Á parte disto, só lle preocupaba un pensamento: finalizar o seu rogo escrito aos poderes benignos que, atravesando a fraga enmeigada, poderían en calquera momento rescatalo se lle fose denegada a beizón da aniquilación. Escribiu con grande apuro; da poliña que tiña entre os seus dedos fluía sangue sen necesidade de ser recargada. Pero na metade dunha oración, as mans negáronlle obediencia á súa vontade, os brazos caéronlle aos costados, o libro ao chan; e sen forzas para se mover ou berrar, encontrouse fitando a face severamente engurrada e os ollos sen vida e inexpresivos de súa nai, que estaba alí, de pé, pálida e silenciosa, e vestida coa roupa coa que recibira sepultura. 2 De mozo Halpin Frayser vivira cos seus pais en Nashville, no estado de Tennessee. Os Frayser eran unha familia adiñeirada que gozaba dunha boa posición no tipo de sociedade que sobrevivira á destrución causada pola Guerra Civil. Os seus fillos tiveran as oportunidades sociais e educativas propias da época e do lugar en que naceran, e responderan ás boas relacións e á instrución amosando uns modais agradables e unhas mentes cultas. Halpin, que era o máis novo e non moi afouto, foi quizais un pouco "mimado". Padeceu ademais a dobre desvantaxe da excesiva dedicación de súa nai e da total despreocupación de seu pai. Frayser pai era o que calquera home sureño acomodado xamais pode deixar de ser: un político. O seu país, ou mellor dito, a súa rexión e o seu Estado, facían demandas tan esixentes do seu tempo e da súa atención que a aquelas da súa familia se viu obrigado a facer oídos xordos, en parte xa enxordecidos estes polo clamor dos líderes políticos e dos vítores, os seus incluídos. O pequeno Halpin tiña un carácter soñador, indolente e bastante romántico, e en certa maneira era máis afeccionado á literatura ca ao dereito, profesión para a que fora educado. Entre aqueles dos seus familiares que profesaban a moderna crenza na herdanza xenética sabíase que na súa persoa o carácter do defunto Myron Bayne, un bisavó materno, volverá visitar os escintileos da lúa, polo orbe da cal Bayne se vira afectado abondo en vida como para se converter nun poeta dunha notable distinción no período colonial. Malia non ser especialmente patente, si que se podía apreciar que, se ben un Frayser que non fose o orgulloso propietario dunha suntuosa copia das ancestrais "obras poéticas" —impresas por conta da familia, e había tempo retiradas dun mercado inhóspito—, era un Frayser ben atípico, existía pola contra unha ilóxica aversión a honrar o gran defunto na persoa do seu sucesor espiritual. Halpin era polo xeral desaprobado como unha ovella negra intelectual que podería en calquera momento deshonrar o rabaño poñéndose a bear en verso. Os Frayser de Tennessee eran unha xente práctica, pero non práctica no sentido popular de devoción por empresas sórdidas, senón no de amosar un forte desprezo por calquera calidade que incapacitase a un home para a saudable vocación da política. Para lle facer xustiza ao mozo Halpin, hai que dicir que aínda que nel se reproduciran con bastante exactitude as máis das características morais e mentais que a historia e a tradición familiar lle adscribían ao famoso bardo colonial, a súa herdanza do talento e da facultade divina era unha pura inferencia. Non só se sabía que nunca chegara a cortexar a musa, senón que en realidade non foi quen de escribir correctamente un verso para se salvar do Asasino dos Sabios. Con todo, non se podía predicir cando as súas adormecidas facultades poderían espertar para comezaren a bater na lira. Entrementres, e de calquera xeito, o mozo sentíase coma o moucho no seu souto. Entre el e a súa nai existía a máis perfecta complicidade, pois a señora era en segredo unha devota discípula do finado e gran Myron Bayne, aínda que, co tacto tan xeral e xustamente admirado no sexo feminino (malia eses calumniadores sen piedade que insisten en que é basicamente a mesma cousa cá astucia), sempre tivera coidado de ocultar a súa debilidade ante todos os ollos agás os del, con quen a compartía. Ese sentimento común de culpabilidade uníaos aínda máis. Se na súa nenez Halpin fora mimado por súa nai, sen dúbida ningunha el contribuíra a ser mimado. Mentres acadaba a madurez ao xeito en que o pode facer un sureño ao que non lle importan como van as eleccións, a unión entre el e súa fermosa nai —á que desde a máis temperá nenez chamaba Katy— íase facendo ano tras ano máis forte e tenra. Nestes dous espíritos románticos manifestábase dun xeito notable ese fenómeno normalmente ignorado: a hexemonía do compoñente sexual en todas as relacións da vida, fortalecendo, suavizando e mais embelecendo mesmo aquelas de consanguinidade. Os dous eran case inseparables e os estraños que observaban o seu comportamento máis dunha vez os tomaron por amantes. Certo día Halpin Frayser entrou no toucador de súa nai, bicouna na fronte, xogou brevemente cun rizo do seu moreno pelo que escapara dos ganchos e, facendo un evidente esforzo por manter a calma, díxolle: —¿Desgustaríache moito, Katy, que me vise na obriga de pasar unhas semanas en California? Non foi necesario que Katy respondese cos beizos unha pregunta que as súas meixelas reveladoras xa contestaran ao instante. Abofé que lle importaría moito; e as bágoas, tamén, brotaron nos seus grandes ollos castaños como testemuño corroborador. ¾ ¡Oh, meu fillo! —dixo, mirándolle á cara cunha tenrura infinda—, debín supoñer que isto ía suceder. ¿Acaso non pasei esperta a metade da noite chorando porque, durante a outra metade, o avó Bayne se me presentara nun soño e, de pé onda o seu retrato —novo, tamén, e moi atractivo— sinalou o teu na mesma parede? E cando mirei para el pareceume que non podía distinguir os teus trazos; que foras retratado cun veo sobre o rostro, coma o que poñemos aos defuntos. Teu pai ríuse de min pero ti e eu, querido, sabemos que esas cousas teñen un significado. E puiden distinguir baixo o bordo do veo as marcas dunhas mans na túa gorxa; perdóame, pero non temos costume de ocultármonos este tipo de cousas o un ao outro. Se cadra, ti atópaslle outra interpretación. Quizais iso non significa que vas ir a California, pero si que me has levar contigo... Ten de ser confesado que esta enxeñosa interpretación do soño á luz de probas que acababan de ser reveladas non convenceu totalmente a mente máis lóxica do fillo. Este tiña, polo menos de momento, a convición de que aquel presaxiaba unha desgraza máis simple e inmediata, se ben menos tráxica, ca unha visita á costa do Pacífico. Halpin Frayser tiña a premonición de que ía morrer esganado na súa patria nativa. —¿Non hai balnearios en California? —proseguiu a Sra. Frayser antes de que seu fillo tivese tempo para lle dar a verdadeira lectura do soño— ¿lugares onde unha se pode recuperar do reumatismo e da neuralxia? Mira: os meus dedos están tan engoumados, e estou segura de que me estaban producindo unha gran dor mentres durmía. Tendeu as mans cara el para que as inspeccionase. Cal foi o seu diagnóstico do caso, que o mozo preferiu disimular cun sorriso, este narrador é incapaz de precisar, pero si que se sente na obriga de dicir que xamais dedos aparentemente máis flexibles, e que non exhibían o máis mínimo sinal de ter producido a máis insensible das dores, moi poucas veces foron sometidos a unha inspección médica mesmo polo máis honrado dos pacientes que desexa que se lle receite como remedio un cambio de aires. O resultado de todo isto foi que, destas dúas estrañas persoas que tiñan unhas nocións do deber igualmente estrañas, unha foi a California, como requiría o interese do seu cliente, e a outra quedou na casa seguindo un desexo que seu home a penas era consciente de albergar. Durante a súa estadía en San Francisco, Halpin Frayser estaba a pasear nunha escura noite polo peirao da cidade cando, cunha rapidez que o sorprendeu e desconcertou, se converteu en mariñeiro. De feito, fora narcotizado e enrolado nun espléndido, nun moi espléndido barco, no que o levaron a un afastado país. Pero o seu infortunio non rematou coa viaxe, pois o barco embarrancou preto dunha illa no Pacífico sur e tiveron que transcorrer seis anos ata que os sobreviventes foron recollidos por unha aventureira goleta comercial e levados de volta a San Francisco. Malia a estar sen un can, Frayser non perdera o orgullo de espírito que o caracterizara anos atrás, que agora xa parecían séculos. Non aceptaría axuda ningunha de estraños, e foi mentres vivía preto da cidade de Santa Helena cun outro sobrevivente do naufraxio, á espera de noticias do fogar, cando lle deu por saír a cazar e a soñar. 3 ¡A aparición que se lle presentou ao soñador na fraga enmeigada —aquilo tan parecido, e ao tempo tan diferente, a súa nai— era horrible! Non espertaba amor nin afecto no seu corazón; non lle traía recordos agradables dun pasado dourado; tampouco lle inspiraba sentimento ningún; todas as emocións máis belas foron devoradas polo medo. Tentou virar e escapar dela pero as pernas non lle responderon: non era quen de levantar os pés do chan. Os brazos colgábanlle inertes polos costados; tan só sobre os ollos mantiña o control, pero non se atrevía a os apartar das órbitas apagadas da aparecida, que sabía que non era unha alma sen corpo, senón a máis arrepiante de todas as criaturas que infestaban aquela fraga enmeigada: ¡un corpo sen alma! Na súa mirada inexpresiva non había amor, nin piedade, nin tampouco intelixencia; nada ao que lle dirixir unha apelación pedindo clemencia. "Unha apelación non será admitida a trámite", pensou, nunha absurda regresión á xerga profesional, que fixo a situación aínda máis horrible, como cando o lume dun cigarro ilumina unha tumba. Durante un momento, que de tan longo pareceu que o mundo se tornara gris de vello e polos pecados, e que a fraga enmeigada, acadado o seu propósito nesta monstruosa sucesión dos seus terrores, se esvaecera da súa consciencia con todas as súas imaxes e sons, a aparición permaneceu a menos de un paso de distancia, xulgándoo coa malevolencia irracional dunha besta salvaxe; entón, ¡estendeu as mans cara adiante e saltou sobre el cunha ferocidade desacougante! A acción liberou as enerxías físicas do home, mais sen libertar a súa vontade: a súa mente aínda estaba enfeitizada, pero con todo o seu rexo corpo e as súas áxiles extremidades, dotadas dunha cega e insensata vida de seu, resistían tenaces e efectivas. Por un intre pareceulle presenciar esta disputa antinatura entre unha intelixencia morta e un mecanismo vivo só como espectador —ilusións así preséntanse en soños—; entón recuperou a súa identidade coma se dera un paso adiante cara ao interior do seu corpo, e o esgotado autómata posuía agora unha vontade que o guiaba tan alerta e ferozmente como aquela da súa arrepiante antagonista. Pero, ¿que mortal pode facer fronte a unha criatura dos seus propios soños? A imaxinación que crea o inimigo xa está vencida de antemán; o resultado do combate é a propia causa do combate. Malia a súa loita, a pesar da súa forza e da súa actividade, que parecían desperdiciadas no baleiro, sentiu os dedos fríos premendo a súa gorxa. Caído de costas sobre a terra, viu sobre el a face engurrada e sen vida a menos dun palmo da súa, e entón todo se tornou negro. Un son como de redobre de tambores distantes, un murmurio de voces formigantes, logo un agudo e arredado berro que acalaba todos os demais... e Halpin Frayser soñou que estaba morto. 4 Unha cálida e despexada noite dera paso a unha mañá cunha néboa que calaba. Contra á media tarde do día anterior unha nubeciña de vapor lixeiro —un simple espesamento da atmosfera, o fantasma dunha nube— fora observada colgando da cara oeste do monte Santa Helena, ben alta, arredor das desérticas altitudes preto do cume. Era tan fina, tan diáfana, tan como unha fantasía feita realidade, que calquera exclamaría: "¡Mira rápido!: nun momento esvaecerase". Mais pouco despois xa era visiblemente máis grande e densa. Mentres por un bordo colgaba da montaña, polo outro estendíase cada vez máis lonxe polo ceo, sobre as lombas máis baixas. Avanzaba ao mesmo tempo cara ao norte e cara ao sur, absorbendo pequenos bancos de brétema que parecían desprenderse da parede da montaña exactamente á súa altura e tiñan un intelixente deseño para seren absorbidos. E así creceu e creceu ata que o cume xa non podía divisarse desde o val, e sobre este alzábase agora unha bóveda celeste que todo o abarcaba, opaca e gris. En Calistoga, que se asenta preto da cabeza do val e ao pé da montaña, houbo unha noite sen estrelas e unha mañá sen sol. A néboa, no seu descenso ata o val, estendérase cara ao sur, devorando rancho tras rancho, ata que borrou do mapa a cidade de Santa Helena, que estaba a uns trece quilómetros. O po deitouse nos camiños; as árbores cubríronse de gotas de humidade; os paxaros pousáronse silenciosos nos seus niños; a luz da mañá era triste e lúgubre, sen color nin calor ningunha. Dous homes deixaron Santa Helena coas primeiras luzadas do amencer, e comezaron a andar a estrada que polo norte ascendía desde o val en dirección a Calistoga. Levaban rifles colgados dos ombros; pero con todo, ninguén que entendese de tales cousas os podería confundir con simples cazadores de aves ou de animais. Tratábase dun axudante de shérif de Napa e dun detective de San Francisco: Holker e Jaralson, respectivamente. Gañaban a vida cazando homes. —¿A que distancia está? —preguntou Holker, mentres avantaban, levantando cos pés o branco po que xurdía de debaixo da superficie húmida do camiño. —¿A Igrexa Branca? Estamos xa a menos de un quilómetro —respondeu o outro—. Por certo —engadiu—, nin é branca nin é unha igrexa: é unha escola abandonada, gris polo paso dos anos e polo desleixo. Noutroura celebrábanse misas nela, cando era branca, e tiña un camposanto que deleitaría a calquera poeta. ¿Tes algunha idea de por que te fixen chamar e che dixen que viñeses armado? —Veña home, eu nunca te molestei con cousas dese tipo. Sempre fuches comunicativo cando chegaba a hora. Pero se queres que o adiviñe, supoño que queres que te axude a arrestar un dos mortos do camposanto. —¿Lémbraste de Branscom? —preguntou Jaralson, deixando pasar a retranca do seu compañeiro coa indiferencia que merecía. —¿Aquel fulano que lle cortou a gorxa á súa muller? Madia leva si o recordo: perdín unha semana de traballo por el e aínda tiven os meus gastos no asunto. Ofrecen unha recompensa de cincocentos dólares, pero nunca ningún de nós lle botou o ollo enriba. Non quererás dicir que... —Pois si, quero. Estivo diante dos vosos fociños todo o tempo. Adoita vir polas noites ao vello cemiterio da Igrexa Branca. —¡O moi castrón! Alí foi onde soterraron a súa muller. —¿Sabes que?: ti e os teus homes debestes ser o suficientemente espelidos como para para sospeitar que volvería á tumba da súa muller algún día. —Sen dúbida o último lugar ao que ninguén podería sospeitar que ía volver. —Pero o que vós fixestes foi rastrexar todos os demais lugares. Ao saber dos vosos fracasos, os meus ósos "descansaron esperándoo" alí. —¿E descubríchelo? —¡Maldita sexa!, el descubriume a min. O moi pillabán adiantóuseme e, como é usual nestas situacións, retívome e despois fíxome correr. Débolle a Deus que non me liquidara. ¡Éche un bo peixe! Confórmome coa a metade da recompensa se ti andas mal de cartos. Holker riu ás gargalladas, e explicou que os seus acredores nunca foran tan pesados. —Simplemente queríache amosar o terreo e preparar un plan contigo, —aclaroulle o detective—. E pensei que era conveniente que viñesemos armados, mesmo a plena luz do día. —Ese home debe estar tolo ¾ comentou o axudante do shérif¾ . A recompensa dana pola súa captura e condena pero, se o declaran tolo, non será condenado. Ao Sr. Holker afectoulle tanto ese posible erro da xustiza que parou inconscientemente no medio do camiño, e logo reanudou a marcha cun paso menos decidido. —Ben, parece que o está —asentiu Jaralson—. Hei recoñecer que nunca vin un miserable máis mal barbeado, despeiteado, peor vestido e peor de todo o peor, se non contamos a antiga e honorable orde de vagabundos. Pero téñoo no meu punto de mira e non podo afacerme á idea de deixalo escapar. Ademais, a nosa reputación subiría coa súa captura. Ningunha outra alma sabe que se encontra nesta cara das Montañas da Lúa. —De acordo —falou Holder—; iremos e exploraremos o terreo —e engadiu, recordando o que noutrora fora un recorrente epitafio para as tumbas—: "onde pronto has descansar"; se é que o vello Branscom algunha vez se cansa de ti e da túa impertinente intromisión. Por certo, oín o outro día que "Branscom" non era o seu verdadeiro apelido. —¿Cal é logo? —Non o lembro. Daquela xa perdera todo o meu interese nese miserable e non me esforcei por retelo na memoria: era algo parecido a Pardee. A muller á que tivo o mal gusto de lle cortar a gorxa era viúva cando a coñeceu. Viñera a California para visitar algúns familiares; hai persoas ás que se lle dá por aí ás veces. Pero ti xa sabes todo iso. —Abofé. —Pero, se non coñecías o seu apelido, ¿que divina inspiración te levou a encontrar a tumba correcta? O home que me dixo cal era o seu apelido real comentoume que ese fora o que gravaran na lápida. —O certo é que non sei cal é a tumba. ¾ Jaralson parecía un pouco reticente a admitir a súa ignorancia nun aspecto de tanta importancia para o seu plano¾ . Estiven botando unha ollada por riba a todo o lugar. Unha parte do noso traballo esta mañá será identificar a tumba. Aí está a Igrexa Branca. Durante un longo tramo o camiño estivera abeirado por campos, pero agora, á esquerda, distinguíase unha fraga de carballos, erbedeiros e piñeiros xigantes dos que só se podían ver as pólas máis baixas, borrosas e espectrais na néboa. O monte baixo era, nalgúns lugares, mesto, pero en ningures impenetrable. Por uns momentos Holker non alcanzou a ver nada do edificio pero, en canto se meteron entre as árbores, aquel presentouse como unha borrosa silueta gris a través da néboa, inmenso e distante. Tras un par de pasos máis, xa estaba ao alcance da man, perfectamente distinguible, escurecido pola humidade e dun tamaño insignificante. Tiña a forma da típica escola rural: pertencía á escola arquitectónica da "caixa para embalar", cuns cimentos de pedra, un tellado cuberto de musgo, e os ocos das ventás baleiros, pois os cristais e marcos desapareceran había tempo. Estaba derruído pero non era unha ruína —o típico substituto californiano para o que os amantes de guías turísticas para estranxeiros denominan "monumentos do pasado" —. Tras unha breve ollada a este para nada interesante edificio, Jaralson seguiu adentrándose polo denso monte baixo. —Amosareiche onde me asaltou —dixo—. Aquí está o cemiterio. Aquí e alá había entre a maleza pequenos recintos que contiñan tumbas, ás veces non máis de unha. Recoñecíanse polas pedras descoloridas ou polos madeiros podrecidos da cabeceira e dos pés, que se inclinaban en todos os ángulos, algunhas mesmo deitadas polos ruinosos valados que as cercaban; ou, en contados casos, polos montículos que amosaban o grixo entre as follas caídas. En numerosas ocasións, nada marcaba o punto onde descansaban os restos dun pobre mortal ¾ quen, abandonando coa súa morte "un amplo círculo de aflixidos amigos", fora á súa vez abandonado por estes¾ , excepto unha depresión no chan, máis duradeira que a que quedou nos espíritos dos que fixeron o pranto. Os sendeiros, se é que algunha vez os houbo, xa desapareceran; árbores dunha altura considerable conseguiran crecer sobre as tumbas, abatendo coas súas raíces e as súas pólas o valado que as rodeaba. Reinaba sobre esta paisaxe un aire de desleixo e decadencia que en ningún outro lugar parecería tan apropiado e significante coma nun poboado de mortos esquecidos. Mentres os dous homes, con Jaralson á fronte, se abrían camiño a través de abrollos de árbores, o emprendedor detective parou de socate e levou o rifle á altura do peito, emitiu un aviso de perigo, e permaneceu sen se mover, cos ollos mirando a fite en algo máis adiante. Como mellor puido, obstaculizado pola maleza, o seu compañeiro, malia que non vira nada, imitou a súa postura e así quedou, preparado para o que puidese vir. Pouco despois Jaralson avanzou con precaución, ao que lle seguiu o seu compañeiro. Baixo as pólas dun enorme piñeiro xacía o corpo sen vida dun home. De pé á beira del, silenciosos, os dous cazarecompensas fixáronse nos detalles que polo normal chaman a atención de primeiras nestas situacións: a cara, a postura, a roupa; calquera cousa que máis clara e directamente contestase as preguntas, non formuladas, dunha curiosidade compasiva. O corpo estaba boca arriba, coas pernas moi abertas. Un brazo estaba estirado por riba da cabeza, o outro cara a un costado, pero este fora dobrado enxeñosamente, quedando a man preto da gorxa. Ambas as dúas mans estaban fortemente apertadas. Toda a súa disposición suxería unha resistencia desesperada, pero infructuosa a... ¿que? A pouca distancia do corpo había unha escopeta e un zurrón de caza, e podíase distinguir a través da rede desta a plumaxe de paxaros abatidos. Todo ao redor evidenciaba que houbera unha loita furiosa: os brotes de carballo velenoso estaban partidos e despoxados de follas e de cortiza; follas secas e podrecidas foran amontoadas por outros pés a ambos lados das pernas do morto; á altura das cadeiras apreciábanse pegadas inequívocas de xeonllos humanos. A natureza da loita facíase evidente só cunha ollada á face e á gorxa do morto. Mentres que o peito e as mans estaban pálidas, aquelas presentaban unha cor avermellada, case negra. Os ombros pousaban sobre un pequeno montículo e a cabeza estaba virada formando un ángulo doutro xeito imposible, cos ollos fóra das órbitas mirando, regalados e baleiros, en dirección contraria á dos pés. Da saliva que enchía a boca aberta sobresaía a lingua, negra e inchada. A gorxa mostraba horribles contusións; non só marcas de dedos, senón mazaduras e laceracións provocadas por dúas mans fortes que deberon de se enterrar na branda carne, e que mantiveran a súa terrorífica presión ata ben despois da morte. O peito, a gorxa e o rostro estaban húmidos; a roupa empapada; pingas de auga, froito da condensación da néboa, salferían o pelo e o bigote do cadáver. Os dous homes observábano sen falar, case cunha primeira ollada. Entón Holder dixo: —¡Pobre diaño! Fixérono sufrir ben! Jaralson, mentres, vixiaba a fraga ao seu redor, agarrando o rifle, martelado, coas dúas mans, e co dedo no gatillo. —O traballo dun maníaco —dixo, sen retirar os ollos da fraga que os rodeaba—. Fíxoo Branscom... Pardee. Algo que estaba medio agachado entre as follas removidas do chan chamou a atención de Holker. Tratábase dunha axenda encadernada en coiro vermello. Colleuna e abriuna. Contiña follas brancas utilizadas como diario e, na primeira das follas, podíase ler un nome: "Halpin Frayser". Escritos en cor vermella en varias das follas seguintes ¾ garabateados coma se ás presas e a penas lexibles¾ , atopábanse os seguintes versos, que Holker leu en voz alta, mentres o seu compañeiro continuaba espreitaban os grises e borrosos confíns do pequeno mundo no que estaban e buscando algún motivo de aprensión no son producido polas pingas de auga que caían das pólas, vencidas polo peso da auga sobre cada unha delas: Cativado por algún misterioso feitizo, permanecín baixo a iluminada penumbra dunha fraga enmeigada. Alí ciprés e mirto irmandaron as súas ás, impoñentes, nunha sinistra irmandade. O ameazante salgueiro murmuráballe ao teixo; debaixo, a beladona e a ruda, con semprevivas, entretecíanse en formas estrañas e funéreas, e horripilantes ortigas crecían. Sen canto de paxaros nin zunido de avespas, sen liviá folla mecida pola anovadora brisa: o aire non sopraba, e o Silencio era un ser vivo que respiraba entre as árbores. Espíritos conspiradores rosmaban na penumbra, en voz baixa, os intactos segredos da tumba. Das árbores caía sangue en gotas; e as follas brillaban na luz feiticeira cun arrubiado brillo. ¡Berrei con forza! Pero o feitizo, activo aínda, permanecía no meu espírito e na miña vontade. ¡Sen alma, descorazonado, impotente e desesperado, loitei contra monstruosos presaxios de maldade! Por fin a escuridade... Holker deixou de ler: non había nada máis. O manuscrito remataba bruscamente no medio dun verso. —Sóame a Bayne —comentou Jaralson, que, á súa maneira, tiña algo de intelectual. Moderara o seu estado vixilante e permanecía mirando o corpo. —¿Quen é Bayne? —preguntou Holker sen moita curiosidade. —Myron Bayne, un tipo que acadou certa fama nos primeiros anos da nación, hai máis dun século. Escribía cousas moi lúgubres: teño as súas obras completas. Ese poema non está nelas, pero deberon excluílo por equivocación. —Vai frío —dixo Holker—; vaiámonos de aquí, temos que dar aviso ao oficial de Napa. Jaralson non dixo nada, pero fixo un xesto de aprobación. En pasando o leve montículo de terra sobre o que repousaba a cabeza e os ombros do home morto, os seus pés bateron cun obxecto duro baixo as follas en descomposición da fraga: deulle unha patada, nun esforzo por poñelo á vista. Era unha lápida caída, e escritas nela, case indescifrables, había unhas palabras: "Catharine Larue". —¡Larue, Larue! —exclamou Holker cun xúbilo repentino—. ¡Claro, ese é o verdadeiro apelido de Branscom, non Pardee! ¡Deus bendito!, ¡agora véxoo todo claro! ¡O apelido da muller asasinada era Frayser! —Sabes, hai un intrigante misterio en todo isto —dixo o detective Jaralson—, e eu odio este tipo de cousas. Entón chegoulles, desde a cerna da néboa ¾ aparentemente desde unha gran distancia¾ , o son dunha gargallada, unha risa apagada, deliberada, inhumana, e tan carente de graza coma a dunha hiena vagando de noite polo deserto; unha risa que aumentaba aos poucos, cada vez máis alta e clara, máis nítida e terrible, ata que pareceu deterse xusto fóra do seu limitado campo de visibilidade; unha risa tan sobrenatural, tan inhumana, tan endemoñada, ¡que encheu estes rudos cazadores de homes dunha sensación de pavor indescritible! Non moveron as súas armas nin pensaron nelas; a ameaza daquel espeluznante son non era das que se podía combater con armas. Da mesma maneira que nacera do silencio, ía agora apagándose nel; cun berro final que lles pareceu que soara case nos seus oídos, foise afastando na distancia ata que as súas notas descendentes, alegres e mecánicas ao final, se perderon no silencio a unha distancia inmensurable.
|