Voltar

André Thevet

As singularidades da Francia antártica
O Brasil dos caníbales do século XVI

Versión galega de Xabier Queipo

 

  

COMENTARIO INICIAL

Publicadas por primeira vez no ano 1557, as Singularités de la France Antarctique constitúen, sen dúbida ningunha, unha obra clave na literatura de viaxes do Renacemento. A partir desta obra, consagrada na súa maior parte ós Indios caníbales da baía de Río de Xaneiro, ábrese en Francia unha tradición continua que ha culminar, máis tarde, no século dos filósofos, no mito do bo salvaxe. No ano 1555, o franciscano André Thevet acompaña ó Brasil a Nicolas Durand de Villegagnon, encargado polo almirante de Coligny de establecer unha colonia na baía de Río de Xaneiro. É ocasión para el de redactar, nun estilo sorprendentemente alerta, unha relación vívida e colorista de todo o que observa.

Dálle unha importancia extrema ás crenzas dos que chama "os américas", censa a fauna e maila flora do Novo Mundo, rexistra sen a máis mínima estupefacción as fases máis violentas do ritual antropófago, e relata cunha extrema precisión as máis sinxelas actividades da sociedade tupinamba, desde a elaboración do cahouin (cervexa de millo ou de mandioca) e dos cigarros de petún, ata os preparativos da guerra e da caza.

As singularités son posibles gracias á colaboración dun helenista, Marthurin Héret, que ofrece, en filigrana da cultura indíxena, as lembranzas de Homero, de Virxilio ou de Plutarco, sen as que un home cultivado do Renacemento sería incapaz de percibi-la realidade insólita que se lle ofrecía. Amazonas e comedores de homes traspóñense así con facilidade dun continente ó outro, tendo en conta que a Idade de Ouro encontra nestes remotos lugares unha floración mítica e tardía.

A obra non é soamente un dos primeiros monumentos etnográficos do xénero, senón tamén un testemuño singular da alianza entre a visión humanista do mundo e a xeografía das grandes descubertas.

 

 

 

Cap II.

Da costa de Ganabara ou de Xaneiro,

e cómo o país onde chegamos

foi chamado a Francia Antártica

 

 

Ó non ter mellor maneira de ficar no cabo do Frío, polas razóns anteditas, foi necesario deixa-lo lugar, poñendo velas a outra parte, para decepción das xentes do país que esperaban de nós unha estadía máis prolongada e unha alianza duradeira, segundo a promesa que lles fixeramos na nosa arribada; por iso, navegamos por espacio de catro días ata o dez, onde atopamos esa gran ribeira que chaman Ganabara os orixinarios do país, pola similitude que ela ten cunha lagoa, ou Xaneiro para aqueles que por vez primeira descubriran o país, distante trinta leguas do lugar de onde nós partiramos. No camiño, o vento que tivemos foi moi contrario; e iso atrasounos. Pois que pasaramos moitas illas pequenas entre este lado do mar e o estreito da nosa ribeira, longa coma un traxecto de arcabuz, fomos da opinión de entrar nese lugar e de tomar terra cos nosos navíos: e tamén os habitantes nos recibiron o máis humanamente que lles foi posible; pois como eles estaban avisados da nosa chegada, tiñan preparado un precioso palacio ó modo do país, tapizado todo arredor con follas de árbores e con herbas de olor, a xeito de felicitación, amosando pola súa parte unha gran ledicia e invitándonos a face-lo mesmo. Principalmente os máis vellos, que son coma reis ou gobernadores, un despois do outro, achegáronse a vernos, e con gran admiración saudábannos no seu modo e na súa lingua; conducíronnos logo ó lugar que nos tiñan preparado; e nese lugar abastecéronnos de víveres de todo tipo, como unha fariña feita coa raíz que eles chaman manihot e outras raíces grandes e pequenas, moi boas todas elas, e gustosas para comer, e doutras cousas do país; de xeito que cando chegamos, logo de gabar e dar gracias (como todo bo cristián debe facer) a Aquel que nos pacificara o mar, os ventos, en resumo, que nos dera os medios de facer unha boa viaxe, non houbo máis que facer que relaxarse e descansar na herba verde, como fixeran os Troianos, logo de tantos naufraxios e tempestades, cando encontraran á boa Didon; aínda que Virxinal dicía que tiñan bo viño vello e nós só tiñamos auga da boa.

Logo de habitar alí durante dous meses e de investigar tanto as illas como a terra firme, o afastado país que nós descubrimos foi nomeado Francia Antártica, onde non se atopa mellor lugar para construír e fortificar que unha pequena illa, cun único lugar para unha torre, situada case na desembocadura desta ribeira da que xa falamos, a que pola mesma razón e xunto co forte que alí se construíu foi nomeada Coligny. Esta illa é moi agradable, por estar cuberta dunha gran cantidade de palmeiras, cedros, árbores do Brasil, sebes aromáticas que reverdecen todo o ano; aínda que é certo que non hai nin pinga de auga doce se non é moi lonxe.

Daquela, o señor de Villegagnon, para se asegurar contra os ataques destes salvaxes fáciles de contrariar, así como contra os portugueses, no caso de que se aventurasen por alí, fortificouse o mellor que puido neste lugar. No que respecta ós víveres, fornecíannos os nativos de todo aquilo que o país producía, como son peixes, veados e outros animais salvaxes (pois eles non se alimentan coma nós de animais en catividade), fariñas desas raíces das que xa falamos anteriormente, sen pan nin viño: e isto en troco de cousas de escaso valor como son pequenos coitelos, anzois e garfos para colle-lo peixe.

Direi que nos arredores da nosa ribeira, preto do esteiro, atópase unha marisma ou lago proveniente na súa maior parte dunha pedra ou rocha, marabillosamente elevada no aire en forma de pirámide e grande de proporción, o que é unha cousa case incrible. Esta rocha está exposta por tódolos seus lados ós envites e bruscos cambios do mar. O lugar está á altura do Capricornio cara ó sur, a vintetrés graos e medio do equinoccio, baixo o Trópico de Capricornio.

Cap VIII

Contra a opinión dos que estiman

que os salvaxes son peludos.

Porque hai moitos que teñen esa opinión aloucada de que a xente que chamamos salvaxes, dado que viven nos bosques e nos campos case do mesmo xeito que o fan os animais, son así tamén en todo o seu corpo coma un oso, un cervo, un león, e que mesmo os pintan así nos seus fantásticos cadros; en resumo, que para describir un home salvaxe, atribúenlle abundancia de pelo dos pés á cabeza, como unha condición inseparable, como é a negritude a un corvo; o que é totalmente falso; aínda máis, eu teño visto algúns teimudos que afirman obstinadamente, ata o punto de xuralo, una cousa que é incerta, por non a teren xamais visto, ata ese grao é común a opinión. No que a min respecta, seino e afírmoo con toda seguridade porque o vin. Mais, pola contra, os salvaxes, tanto da India Oriental coma da nosa América, saen do ventre das súas nais así fermosos e pulidos coma os nenos da nosa Europa. E se o pelo lles crece por sucesión do tempo en certas partes do corpo, como nos acontece a nós, en calquera parte que sexa, eles arríncano coas unllas, agás o da cabeza, xa que teñen iso en grande horror, tanto os homes coma as mulleres. E o pelo das cellas que lles crece ós homes sen medida, as mulleres rasúrano con certa herba cortante coma unha folla de afeitar. Esta herba semella ó xunco que vive preto das augas. E no que respecta ó pelo amatorio e á barba do rostro, arríncano do mesmo xeito que no resto do corpo. Desde hai tempo, encontraron o método de fabricar unhas pinzas coas que arrincan o pelo bruscamente.

Logo de os frecuentaren os cristiáns, aprenderon algunha forma de fabrica-lo ferro. E por esta razón non deberedes de crer de aquí en adiante a opinión común e o xeito de os representaren os pintores, ós que lles está permitido pintar moitas cousas á súa única discreción, como ós poetas facer contos. Algunhas veces acontece excepcionalmente que un neno saia moi peludo do ventre da nai, e que lle creza e lle aumente o pelo no corpo todo, como se viu en Francia en varias ocasións; este é un accidente da natureza, nin máis nin menos que o nacemento con dúas cabezas ou calquera cousa semellante. Non son cousas admirables, tendo en conta que tanto filósofos coma médicos poden explica-la razón. Eu vin un neno en Normandía cuberto de escamas coma se fose unha carpa. Son imperfeccións da natureza. Confeso que se atopan certos monstros con forma de homes, nomeados sátiros, que viven no interior dos bosques e son peludos coma bestas salvaxes. E disto están cheos os escritos dos poetas, destes sátiros, faunos, ninfas, dríades, hamadríades, orcadas e outras formas de monstros que non se atopan hoxe coma no pasado, cos que o espírito maligno se esforzaba por tódolos medios en deprimir ó home. Mais, hoxe en día, que o Noso Señor se comunica connosco por compaixón, estes espíritos malignos foron cazados, dándosenos poder contra eles, como indica a Sagrada Escritura. Tamén en África podemos atopar aínda monstros deformes, polas razóns que anunciamos ó comezo deste libro e por outras que deixarei de presentar.

Os habitantes da nosa América levan o pelo na cabeza disposto de xeito semellante ós monxes non excedendo as orellas: é verdade que o cortan por diante da cabeza; e din que teñen as súas razóns para facelo, así que me informou un cacique do país, que se levasen o cabelo longo por diante e a barba longa correrían risco de caer en mans dos seus inimigos, que os poderían coller polos pelos e pola barba, e tamén porque aprenderon dos seus antecesores que o feito de estar así descubertos de pelo habíalles proporcionar unha resistencia maior. Estimaría que se os nosos salvaxes frecuentasen Asia terían aprendido iso dos Avantes, que habían considerar esta invención de rasura-la cabeza para ser, din eles, máis fortes e belicosos cós seus inimigos. Tamén conta Plutarco na vida de Teseo que era costume entre os atenienses que os éforos, é dicir, os maxistrados constituídos como tribunos da república, ofrecesen a tonsura dos seus cabelos e perrucas ós deuses en Delfos, de xeito que Teseo, facendo que lle rasurasen a parte frontal da cabeza á moda dos nosos americanos, foi incitado polos avantes, pobo de Asia. E, en efecto, encontramos que Alexandre, rei de Macedonia, ordena ós seus prende-los macedonios polos cabelos e pola barba, que a levaban moi longa, pois aínda non tiñan os barbeiros para lles corta-los cabelos ou barbealos. E os primeiros que o viron en Italia viñan de Sicilia. Velaquí o que fai ó pelo dos americanos.

Cap XIV

De cómo os salvaxes de América

cren que a alma é inmortal.

Este pobre pobo, calquera que sexa o erro ou a ignorancia que teña, é de tódolos xeitos moito máis tolerable, sen comparación, cós perniciosos ateos do noso tempo, os que, non contentos con seren creados a imaxe e semellanza dun Deus eterno, perfectos no medio de tódalas criaturas, a pesar de tódalas escrituras e milagres, quérense sen orde e réndense bestas brutas, sen lei e sen razón. E por ser así hai que os tratar como bestas; xa que non hai animal irracional que non renda obediencia ó home como feito á imaxe de Deus, como podemos ver tódolos días. Verdade é que calquera día farémoslles sentir se non queda nada logo da separación do corpo e da alma; máis así e todo prace a Deus o aconsellalos ben, ou dalgún xeito eliminalos da terra, de tal xeito eles non achegan máis que molestia ós outros. Daquela, esta pobre xente opina que a alma é inmortal, o que eles nomean na súa lingua cherepicouare. O que eu escoitei cando lles preguntei que acontecía co seu espírito cando morrían. As almas, din eles, daqueles que combateran virtuosamente ós seus inimigos, vanse xunto con moitas outras almas ós lugares de pracer, bosques, xardíns e pastos; mais, pola contra, aqueles que non defendesen ben o país, irán con Agnan. Unha vez interroguei a un gran rei do país que nos viñera visitar desde unha distancia de trinta leguas, e respondeume furiosamente na súa lingua con palabras semellantes ás que transcribo: "¿Non sabes que logo da morte as nosas almas viaxan a un país afastado, e atópanse todas xuntas en lugares preciosos como din os nosos profetas, que os visitan regularmente e falan deles?" E eles teñen esta opinión como segura, sen dubidar nin unha chisca. Outra vez, cando fomos visitar a un rei do país chamado Pindahousou, ó que encontrei no seu leito cunha febre continua, comezou a me interrogar; entre outras cousas, sobre o que acontecía coas almas dos nosos amigos europeos cando morrían; e dicíndolle que ían con Toupan, creume de contado; a partir do cal, díxome: "Atende, eu entendín dicir cousas tan grandes de Toupan, que ten poder sobre tódalas cousas, fálalle de min, para que me sande, e se dou sandado heiche facer moitos regalos bos, eu quero estar vestido coma ti, levar unha gran barba e honrar a Toupan coma ti." E, estando en verdade curado, o señor de Villegagnon pensou en facelo bautizar, e por iso o retivo xunta el.

Hai aínda unha outra estraña opinión: é a que estando sobre a auga, sexa mar ou río, para ir contra os seus inimigos, se sobrevén calquera tempestade ou tormenta (como chegan frecuentemente), eles cren que iso vén das almas dos seus parentes e amigos, mais o porqué non o saben dicir; e para acalmala tiran calquera cousa á auga, a xeito de presente, estimando deste xeito calma-las tormentas. Aínda máis, cando algún deles morre, sexa rei ou outro, antes de metelo na terra, se hai algún que teña algo que pertenza ó finado fará ben en gardalo, mais ha de levalo publicamente e deixalo diante de todo o mundo, para que sexa soterrado con el; noutro caso, ha considerar que a alma, logo da separación do corpo, virá molestalo por mor do ben retido. Prego a Deus que moitos de entre nós teñamos as mesmas opinións (espero sen erro), non retendo bens doutro, como o fixeron nos nosos días sen pena nin vergoña. E, rendido ó morto o que lle corresponde, envólvese e átase con cordas, quer de algodón quer da casca de certas árbores, de xeito que non é posible, segundo a súa opinión, que poida retornar; o que temen fortemente, dicindo que tal ten acontecido noutros tempos ós seus maiores e antecesores, que foi causa de dar máis orde, tanto son espirituais e ben ensinadas estas pobres xentes.

 

Capitulo XV

Cómo estes salvaxes fan a guerra

uns contra outros, e principalmente contra aqueles

que chaman margageas e tabajares,

e dunha árbore que chaman haïri,

do que fabrican as súas armas de guerra.

 

Este pobo de América é moi dado a pelexar contra os seus veciños, nomeadamente contra aqueles que chaman na súa lingua margageas e tabajares; e de non daren con xeito de acalma-la súa querela, bátense forte e continuamente. Fan asembleas de ata seis mil homes, algunhas veces mesmo de dez ou doce mil, é dicir, aldea contra aldea, ou doutro xeito se eles se confrontan da mesma forma que o fan os do Perú e os caníbales. E tendo que acometer un gran empeño, sexa este a guerra ou calquera outro, fan unha asemblea, principalmente de vellos, sen mulleres nin nenos, dunha tal gracia e modestia que falarán un logo doutro con respecto, e aquel que fale ha ser dilixentemente escoitado; pois logo que faga a súa arenga, un déixalle o lugar a outro, e así sucesivamente. Os que escoitan están sentados na terra, agás certos de entre eles que, en consideración de calquera preeminencia, sexa pola súa ascendencia ou por calquera outra, estarán sentados en cadeiras. Considerando isto, vénme á memoria ese loable costume dos gobernadores de Tebas, antiga vila de Grecia, que para deliberar sobre cuestións da República estaban sempre sentados na terra. O tal formalismo considérase un argumento de prudencia; xa que se ten por certo, segundo os filósofos, que co corpo sentado e repousado, os espíritos son máis prudentes e máis libres, por non estaren tan preocupados do corpo cando repousan como o estarían doutra maneira.

Ademais, é unha cousa estraña nestes americanos que nunca xamais establecen entre eles pacto ou tregua, tan forte é a inimizade que hai entre os mesmos, como fan tódalas outras nacións, mesmo aquelas reputadas como as máis bárbaras e máis crueis como son os turcos, mouros e árabes, e coido mesmo, que se Teseo, primeiro autor de treguas no campo dos Gregos, estivese aquí, estaría máis dificultado ca nunca para conseguila. Teñen certas técnicas de guerra para sorprendérense uns ós outros, tan ben como pode acontecer noutros lugares. Daquela, estes américas, tendo unha inimizade perpetua contra os devanditos veciños, procúranse regularmente uns ós outros e bátense tan furiosamente como lles é posible. Reúnense en gran número pola noite para facer unha escaramuza, pois adoitan sorprenderse máis pola noite que polo día. Unha vez que son advertidos da chegada dos seus inimigos, ou ben a sospeitan, plantarán na terra, todo arredor dos seus tugurios e á distancia do tiro do arco, unha infinidade de estacas de madeira moi afiadas, de xeito que o extremo que sobresae da terra é moi agudo e a penas se ve, o que eu non podo senón comparar coas técnicas dos trampeiros; co fin de que os seus inimigos espichen os pés que levan espidos coma o resto do corpo, e que por este medio eles poden masacrar, é dicir, matar a uns e facer prisioneiros ós outros. É un grande honor para eles, cando parten do seu país para asediar ós outros nas súas fronteiras e cando traen moitos dos seus inimigos prisioneiros ó seu país; así como tamén é celebrado polos outros como rei e gran señor aquel que matou máis inimigos. Cando queren sorprender a unha aldea, agóchanse de noite na selva coma os golpes, descansando alá certo tempo ata que calculan que é o momento de se lanzar ó ataque. Chegando a unha aldea calquera, teñen certa táctica de poñer lume nos aloxamentos dos seus inimigos para obrigalos a saír con tódalas súas pertenzas, mulleres e nenos. Cando saíron, lánzanse uns contra os outros con setas, mazas e espadas de madeira, de xeito que non hai espectáculo maior que ver unha semellante revolta. Cóllense e trábanse cos dentes en tódolos lugares que encontran e nos beizos, que levan atravesados, mostrando algunhas veces, para intimidar ós seus inimigos, os ósos dos que venceron na guerra e que xa comeron; en definitiva, utilizan tódolos medios para enfastiar ós seus inimigos. Poderedes velos conducidos prisioneiros, atados e amordazados coma ladróns. E ó regreso dos que retornan ó país con calquera signo de victoria, Deus sabe os agarimos e os ouveos que se fan.

As femias seguen ós seus maridos á guerra, non para combater coma as amazonas, senón para levar e administra-los víveres e as municións requiridas na tal guerra, xa que nalgunhas ocasións fan viaxes de cinco ou seis meses sen retornar. E cando deciden partir para a guerra, préndenlle lume ó interior das súas vivendas, e o que teñen que é bo agóchano baixo terra ata a súa volta. Canto máis importante é un na comunidade, máis mulleres ten ó seu servicio. Os seus víveres son os que se producen no país, fariñas de raíces, moi delicadas cando son recentes pero cando envellecen son tan pracenteiras coma a cebada ou a avea; e o resto son carnes de animais salvaxes e de peixe, seco e afumado. Tamén lles transportan os leitos de algodón, non levando os homes nas mans senón os seus arcos e setas.

As súas armas son espadas de madeira moi grandes e pesadas; e tamén arcos e setas. Os seus arcos son a metade máis longos cós arcos turcos, e as setas en proporción, feitas dunhas canas mariñas, e outras feitas da madeira dunha árbore que lle chaman haïri, con follas semellantes ás da palmeira, que é da cor do mármore negro, razón de moitos diciren que se trata do ébano; de tódolos xeitos, paréceme que non, pois que o ébano auténtico é máis brillante. Ademais, a árbore do ébano non se parece a esta, xa que esta é moi espiñenta en tódalas súas partes; e aínda máis, o bo ébano cóllese no país de Calcuta e en Etiopía. Esta madeira é tan pensa que vai ó fondo da auga coma o ferro; e por iso os salvaxes fan as súas espadas de combate con este material. Leva un froito grande como unha bola e algo apuntada nun dos seus extremos. No interior poderedes encontrar un núcleo branco coma a neve; froito do que eu recollín unha gran cantidade. Estes salvaxes teñen ademais nesta madeira unha fonte para fabricar preciosos colares. Tan dura e forte é (como xa dixemos antes) que as setas fabricadas con ela atravesan a mellor coiraza. A terceira peza das súas armas é un escudo que utilizan na guerra. É moi longo, feito do coiro dunha besta da mesma cor cás vacas deste país, de feitura moi diversificada e de diversos tamaños. Estes escudos son da mesma forza e resistencia cós escudos barceloneses, de xeito que han resistir a un arcabuz e, consecuentemente, a calquera arma menor. No que fai ós arcabuces, hai moitos que os levan, pois que llelos deron desde que os frecuentan os cristiáns, ora que non saben utilizalos, e só disparan ás veces, con gran dificultade, unicamente para asustar ós seus inimigos.

 

 

 

Capítulo XVI

A forma dos seus combates,

tanto na auga coma na terra.

 

 

Se cadra preguntades por qué estes salvaxes fan a guerra uns contra os outros, considerando que non son máis poderosos uns cós outros, do mesmo xeito que entre eles non hai grandes riquezas e que obteñen da terra bastante máis có que precisan para cubri-las súas necesidades. Abondará con entender que a causa da súa rivalidade é pouco fundamentada, soamente o apetito de calquera vinganza, sen outra razón, igual que se fosen animais salvaxes, sen poderen chegar a calquera tipo de acordo honesto, sendo que resolveron seren os seus inimigos de sempre. Reúnense (como dixemos antes) en gran número para saíren buscar ós inimigos, particularmente se recibiron recentemente calquera tipo de inxuria; e alá onde se atopen, bátense a setadas ata que chegan ó corpo a corpo, agarrándose por brazos e orellas e dándose puñadas. Daquela non hai cabalos, de onde poidades colixir que gañarían os máis fortes. Son obstinados e afoutos, tanto é así que antes de se xuntaren e pelexar (como se relatou no capítulo precedente), estando no campo afastados uns dos outros a distancia de tiro de arcabuz, algunhas veces por espacio dun día enteiro ou máis, fítanse e incrépanse, amosando a face máis intimidatoria e cruel que lles resulta posible, ouveando e berrando tan confusamente que non se oiría tronar, mostrando os seus desafectos con acenos de brazos e mans, erguendo en alto as súas espadas e mazas de madeira. Somos valentes (din eles), e do mesmo xeito que devoramos ós vosos parentes tamén vos habemos comer a vós; e moitas outras ameazas frívolas.

Nisto semellan observa-la maneira de guerrear dos romanos, que, antes de entrar en batalla, lanzaban berros intimidatorios e proferían graves ameazas. É o mesmo que logo utilizaron os galos nas súas guerras, e así o describe Tito Livio. Tanto unha forma coma outra semellan moi diferentes ás utilizadas polos aqueos dos que fala Homero, xa que estes, cando estaban prestos a batallar e a asaltar ós seus inimigos, non facían ningún ruído, senón que se abstiñan totalmente de falar.

A vinganza máis grande que utilizan estes salvaxes, e que lles parece a máis cruel e indigna, é a de come-los seus inimigos. Cando fixeron un prisioneiro de guerra, se non son bastante fortes para transportalo, antes de pedir axuda cortaranlle brazos e pernas, e antes de deixalo hano comer, ou ben levará cada un un anaco, grande ou pequeno. Se poden levar algúns ata o seu país tamén os comerán. Os antigos turcos, mouros e árabes tamén utilizaban este xeito (polo que aínda hoxe hai un proverbio que di: Gustaría de come-lo seu corazón), e tamén usaban as mesmas armas cós nosos salvaxes. Pero logo que os cristiáns lles forxaran e lles ensinaran a forxa-las armas coas que se baten hoxe en día, hai perigo que cheguen tantos destes salvaxes, sexan américas ou outros.

Ademais, esta pobre xente aventúrase na auga, sexa doce ou salgada, para procura-lo seu inimigo, como acontece cos da gran ribeira de Xaneiro contra os de Morpion. Naquel lugar residen os portugueses, inimigos dos franceses, do mesmo xeito que os salvaxes dese lugar son inimigos dos de Xaneiro. As embarcacións que utilizan son pequenas almadías, ou pequenos barcos, feitos da casca dunha árbore, sen punta nin quilla, dunha lonxitude de cinco ou seis brazas, e dunha anchura de tres pés. E debedes saber que non os fan máis grandes por estimaren que doutro xeito non poderían face-los vogar á súa maneira para fuxir ou para seguir ó inimigo. Teñen unha superstición moi arraigada no tanto de descasca-las árbores para isto. Os días que se ocupan neste labor (que fan desde a raíz ata a cima), non comen nin beben, pois que (din eles) de facéreno poderíalles acontecer calquera desgracia na auga. Os navíos así construídos serán cen ou cento vinte, metendo en cada un deles unas cincuenta persoas, tanto homes coma mulleres. As mulleres serven para empuxar e para achica-la auga que entra entre as súas pequenas cestas cunhas cunquiñas feitas con froitos de casca dura. Os homes asegúranse no interior coas súas armas, nadando preto da ribeira; e se atopan calquera aldea, poñerán pé a terra e arrasarana a sangue e fogo se son os máis fortes. Pouco antes da nosa chegada, os américas, que se din os nosos amigos, capturaran no mar un pequeno navío portugués estando nalgún lugar próximo á ribeira, malia a resistencia que opuxeran tanto coa súa artillería coma con calquera outro medio; sen embargo, apresárono e devoraron os homes, fóra algúns que mercamos logo da nosa chegada. Por iso poderedes comprender que os salvaxes que están cos portugueses son inimigos dos salvaxes onde se detiveron os franceses e reciprocamente. Do resto, eles combaten tanto na terra coma no auga. Se acontece que o mar se pon bravo, depositan no seu seo plumas de paspallás ou outro presente, estimando que por este medio han acalma-las ondas do mar. Así fan tamén os mouros e os turcos en caso de parello perigo, lavando o corpo con auga de mar e querendo que tal fagan ó mesmo tempo os da súa compañía, sexan quen sexan, como vin nas miñas estadías no mar.

Logo, os nosos salvaxes, en retornando victoriosos ás súas casas, todos mostran signos de alegría, facendo soar asubíos e tamborís e cantando ó seu modo; o que é moi fácil escoitar, que fan con instrumentos fabricados por eles mesmos con froitos baleirados no seu interior ou ben con ósos de animais ou dos seus inimigos. Decoran ricamente os seus instrumentos de guerra con preciosos penachos. O que aínda se fai hoxe en día, e non sen razón, así como nós faciamos no pasado. Os asubíos, tamborís e outros instrumentos parece que fan acorda-los espíritos adormecidos, excitándoos nin máis nin menos que fai o soprido cun lume medio morto. E non hai, paréceme, mellor medio de suscita-lo espírito destes homes que mediante o son destes instrumentos; xa que non soamente os homes, senón tamén os cabalos, sen que en ningún momento se poida establecer ningunha comparación, semellan estar imbuídos dunha alegría de corazón, que se observou sempre. É certo que os américas e outros bárbaros utilizan comunmente nos seus asaltos e combates berros e ouveos moi desagradables, como diremos máis adiante das amazonas.

 

Capítulo XVII

Cómo estes bárbaros fan que morran os seus inimigos

Collidos na guerra e os devoran

Despois de explicar cómo os salvaxes de toda América levan ós inimigos prisioneiros ata os seus aloxamentos e tugurios, non resta se non é describir cómo os tratan na fin do xogo. Eles actúan da seguinte maneira. O prisioneiro levado ó país dos seus captores, un ou dous, máis ben máis que menos, será tratado excepcionalmente durante catro ou cinco días, logo daráselle unha femia, por ventura a filla de quen o fixo prisioneiro, para satisfacelo plenamente nas súas necesidades de cama e outras; ademais fornécenselle as mellores viandas que se poidan atopar, procurando facelo engordar coma un capón ata o momento do seu sacrificio. Neste período é facilmente recoñecible por un colar feito de fío de algodón no que enfían certos froitos arredondados ou ósos de peixe ou doutros animais, feitos a xeito de rosarios, que colocan no pescozo do seu prisioneiro. E cando queren gardalo catro ou cinco lúas, colócanlle un número parello de rosarios, para írenos retirando a medida que as lúas van expirando, seguindo xusto ata o derradeiro, co fin de que cando xa non queda ningún matalo. No canto destes rosarios, algúns póñenlles tantos colariños no pescozo como lúas van vivir. Ademais, aquí poderedes notar que os salvaxes non contan senón ata cinco, e non teñen en consideración nin as horas do día, nin aínda os días, nin os meses, nin os anos, e contan exclusivamente por lúas. O tal xeito de contar, isto é, observa-los días polo curso da lúa, ordenóullelo antigamente Solón ós atenienses. Se deste prisioneiro e da femia que se lle entregou proveñen nenos no tempo no que están xuntos, hanos alimentar un certo tempo e despois comeranos tamén, lembrando que son fillos dos seus inimigos. Matarán o prisioneiro cando estea ben mantido ou cebado, estimando isto como unha grande honra. E han chamar ós seus amigos máis afastados para que asistan á solemnidade da tal masacre e para que coman a súa parte.

O día da masacre, deitarano no leito, ben cargado de ferros (os cristiáns ensináronlle-lo seu uso), e estarán a catar día e noite cancións do tipo "os margageas nosos amigos son xente de ben, fortes e poderosos na guerra, eles capturaron e comeron gran cantidade dos nosos inimigos, así me han comer calquera día, cando lles praza; mais eu, matei e devorei parentes e amigos daquel que me ten prisioneiro", con palabras moi parecidas. Por isto podedes saber que non fan caso da morte, e menos aínda do que se puidese pensar. Noutro tempo (por pracer) parolei con prisioneiros deses, homes agraciados e poderosos, preguntándolles se non sentían calquera sorte de preocupación polo feito de poderen ser daquel xeito masacrados dun día para outro; ó que me respondían con risas e bromas "os nosos amigos hannos vingar" e moitos outras expresións, amosando a súa gran dureza e seguridade. E se nos falabamos de querelos rescatar das mans dos seus inimigos, tomábano todo como brincadeira.

As mulleres e as rapazas que capturan na guerra permanecen prisioneiras algún tempo coma os homes, e trátanas de igual xeito, fóra de que non se lles proporciona marido. Téñenas como cativas, mais coa liberdade de se moveren dun sitio para outro; facendo que traballen nos xardíns e que se dediquen á pesca de ostras.

Volvamos á masacre. O captor do prisioneiro, como xa dixemos, invitará a tódolos amigos para comer parte do seu botín, cun cahouïn moi forte, que é unha bebida feita de millo mesturado con certas raíces. Neste día solemne, todos aqueles que asistan hanse adornar con plumas de cores diversas ou tinguirán todo o corpo. Particularmente o responsable da matanza, levará os mellores adornos que poida. E cantos máis vexa o prisioneiro que fan os preparativos para a súa morte, máis signos de felicidade ha mostrar. Daquela, conducirase, ben atado e asegurado con cordas de algodón, á praza pública, acompañado de dez ou doce mil salvaxes do país, os seus inimigos, e alí será masacrado coma un porco logo de varias cerimonias.

Morto o prisioneiro, a muller que se lle asignara fará un pequeno dó. Poñendo o corpo en anacos, extráenlle o sangue co que lavan os seus mozos para facelos máis duros, indicándolles que, cando se fagan adultos coma eles, han face-lo mesmo cos seus inimigos. Fanlles pensar tamén que o mesmo farán os seus inimigos de os colleren prisioneiros na guerra. Este corpo, así posto en pezas e cociñado ó seu modo será distribuído entre todos eles, sexa cal sexa o seu número, dándolle a cadaquén o correspondente cacho. As entrañas cómenas as mulleres; reservando a cabeza para cravala no extremo dun pao sobre as súas vivendas, en signo de triunfo e de victoria; e teñen moi especial pracer en facelo coas dos portugueses. Os caníbales e aqueles das costa do Marañón son aínda máis crueis cos españois, facéndoos morrer con máis crueldade sen comparanza, para logo devoralos.

Non se encontra na historia ningunha nación, tanto que sexa coma que non sexa bárbara, que utilizase unha barbarie tan excesiva, agás o que se conta na Guerra dos Xudeus que, cando os romanos chegaran a Xerusalén, a fame, logo de comeren canto tiñan, levaba as nais a mata-los seus fillos e devoralos. Tamén os antropófagos, que son pobos da Escitia, viven da carne humana coma estes.

O que perpetra a devandita masacre, pouco despois retírase para a súa casa e permanece deitado no leito, sen comer nin beber, durante toda a xornada; e aínda se absterá durante varios días, sen que poña o pé na terra ata pasados tres. Se quixese ir a calquera parte, fará que o leven, coa louca idea de que, se así non fixese, halle acontecer algunha desgracia ou mesmo a morte. Pouco despois ha facer cunha coiteliña, feita dos dentes dunha fera chamada agoutin, varias incisións e fendas no seu corpo, o peito e outras partes, talmente que vai aparecer todo picado. Sendo a razón, segundo puiden alcanzar dalgúns informantes, que o fai por pracer, reputando como unha gran gloria para el a morte perpetrada na persoa do seu inimigo. E como eu quixese demostrarlle a crueldade do tal comportamento, indignado, respóndeme moi ben, dicindo que é unha gran vergoña que nós perdoemos ós nosos inimigos cando os collemos na guerra e que é mellor facelos morrer, co fin de subtraérlle-la ocasión de face-la guerra novamente. Vexamos con que discreción se goberna este pobre pobo brutal. Direi tamén que as rapazas utilizan esas mesmas incisións por espacio de tres días consecutivos logo de teren a primeira menstruación, ata chegar nalgunhas ocasións a estaren ben doentes. Eses mesmos días abstéñense de certos alimentos, non saíndo en absoluto nin poñendo pé na terra, como xa se dixera dos homes, sentadas exclusivamente sobre certas pedras dispostas para a ocasión.

 

 

Capítulo XXIX

Dun animal bastante estraño chamado haüt

 

 

 

Aristóteles e algúns outros despois esforzáronse con toda dilixencia en busca-la natureza dos animais, as árbores, as herbas e outras seres vivos; de tódolos xeitos, o que eles escribiran, non é verosímil que chegase ata a nosa Francia antártica ou América, porque non se descubrira nos seus tempos. De calquera maneira, todo o que nos deixaron por escrito achéganos moito consolo e alivio. Se daquela algúns nos describimos raros no que a nós respecta e descoñecidos, espero que non sexa tomado a mal, antes pola contra, que isto poderá achegar algunha satisfacción ós lectores amantes das cousas raras e singulares das que a natureza non quixo que fosen comúns en tódolos países.

Este animal, para abreviar, é tan deforme que é posible e case incrible para aqueles que non o teñan visto. Chámanlle o haüt ou haüthi, e ten tamaño dunha gran mona de África; o seu ventre está moi baixo con respecto á terra. Ten a cabeza moi similar á dun rapaz e a cara moi semellante. Cando se captura, salouca coma se se tratase dun neno aflicto pola dor. A súa pel é cincenta e aveludada como a dun oso. Non ten máis que tres unllas nos pés, da lonxitude de catro dedos, constituídas coma se fosen grandes espiñas de carpa, coas que ascende ás árbores onde permanece máis que en terra. A súa cola ten a lonxitude de tres dedos, sendo pouco peluda. Outra cousa digna de se resaltar é que a este animal xamais se viu comendo, por máis que os salvaxes estiveron a observalo durante longos períodos para ver cómo é que el se alimenta, segundo me contaron eles mesmos. Non ousei crelo, xusto ata que un capitán da Normandía, chamado L’Espiné, e mailo capitán Mogneville, nativo da Picardía, paseando un día nas selvas mestas, fixeron un disparo de arcabuz contra dous destes animais que estaban certamente nunha árbore, e derribáronos en terra, un malferido e outro soamente atordado, o cal me entregaron como presente. E, manténdoo por espacio de vinteseis días, constatei que nunca quixo beber nin comer, sendo que sempre permanecía no mesmo estado, e que finalmente foi esganado por uns cans que levaramos a aquelas terras.

Algúns sosteñen que este animal vive exclusivamente das follas dunha árbore que nomean na súa lingua amahut. Esta árbore erguese por riba de tódalas outras deste país, sendo as súas follas pequenas e delicadas. E polo feito de que se sitúa moitas veces nesta árbore é polo que lle chaman haüt. Ademais, gusta moito dos homes e cando se captura sáltalles ás costas, coma se no seu natural estivese sempre a apetencia polas cousas altas, o que non poden soporta-los salvaxes pois eles andan espidos e este animal ten unllas moi agudas e moito máis fortes cás do león, ou as de calquera outro animal que eu teña visto, por fero ou grande que el fose. A este respecto, eu vin en Constantinopla cómo conservaban nunhas gaiolas certo tipo de camaleóns dos que se dicía que vivían só do aire. E por iso souben que era certo o que os salvaxes me dixeran deste animal. Aínda máis, por moito que el pasase día e noite á chuvia e ó vento (polos que este país está moi castigado), permanecía sempre tan seco coma antes.

Velaí os feitos admirables da natureza e como ela se recrea en facer cousas grandes, diversas e as máis das veces incomprensibles e admirables para os homes. Por iso será impertinente procura-la causa e a razón como algúns insisten en facer día a día, xa que iso é un auténtico segredo da natureza, o coñecemento do cal está reservado ó Criador; como de moitos outros que poderiamos citar aquí, mais dos que me absterei para sumariamente defini-lo resto.

 

Capítulo XXX

De cómo os américas fan lume,

da súa opinión do diluvio e mais das ferramentas

que utilizan

 

Logo tratar dalgunhas plantas singulares e de animais descoñecidos, non soamente aquí senón conforme a miña opinión no resto do mundo habitable, por ser este país coñecido e descuberto hai pouco tempo, quixen, para poñer fin ó noso discurso sobre a América, describi-la estraña maneira que utilizan estes homes para facer lume, coma nas nosas latitudes con pedra e ferro, invención en verdade celestial, ofrecida divinamente ó home para satisface-las súas necesidades. Os nosos salvaxes teñen outro método case incrible para facer lume, ben diferente do noso que é bate-lo ferro na pedra. Sendo necesario admitir que eles utilizan regularmente o lume para satisface-las súas necesidades do mesmo xeito que o facemos nós, e aínda máis para resistir a ese espírito maligno que é a tormenta, que é a causa pola que non se deitarán xamais, onde queira que estean, sen que haxa un lume aceso ó seu carón. E por esta razón, tanto nas súas casas coma fóra delas, sexa no campo ou na foresta, onde ás veces se ven forzados a residir durante longos períodos con ocasión da guerra ou da caza, levan ordinariamente con eles os instrumentos necesarios para prende-lo lume.

Daquela, collerán dous paos diferentes, un deles máis pequeno, de aproximadamente dous pés, de certa árbore seca que teña medula, e o outro un pouco máis longo. Aquel que vai prende-lo lume poñerá o pao pequeno na terra, suxeito polo medio coa axuda dos pés que poñerá enriba, introducirá o cabo do outro pao no buraco que hai no máis pequeno cun pouco de algodón ou de follas de árbore secas; logo, a forza de darlle voltas a este pao, xerará unha calor tal por esta axitación e revolución das follas, que tanto as follas coma o algodón se poñerán a arder; e así é cómo prenden o lume, ó que na súa lingua lle chaman thata, e ó fume thatatin.

Este xeito de facer lume tan sutil disque o recibiron dun gran caribe, moito máis que un profeta, que llelo ensinou ós seus primeiros pais, así como moitas outras cousas que descoñecían. Sei con certeza que hai moito de fábula nesta invención do lume. Hai quen di que uns pastores foron os primeiros inventores de face-lo lume ó modo de que o fan estes salvaxes, é dicir cun certo tipo de madeira, xa que estaban desprovistos de ferro e de pedras. Por isto, sabemos que o lume non provén nin do ferro nin da pedra, como moi ben sostén Afrodisé nos seus Problemes e nalgunhas anotación nesta pasaxe escritas por quen o traduciu ó francés. Diodoro escribe que Vulcano foi o inventor do lume, ó que por respecto, os exipcios escolleron como rei. Así son da mesma opinión estes salvaxes, que antes da invención da cocción comían as carnes secas e afumadas.

Achegoulles este coñecemento un gran Caribe que llelo comunicou mentres durmían, algún tempo despois do gran diluvio que sosteñen que houbo noutros tempos e do que non teñen coñecemento escrito senón pola transmisión entre pais e fillos, de xeito que é admirable como perpetúan a memoria das cousas. E por iso teñen moito coidado de ensinar ós seus rapaces as cousas que sucederan e son dignas de memoria: os vellos non fan outra cousa, a maior parte da noite, logo de espertaren, que contárlle-los sucesos antigos ós máis novos; e, ó escoitalos, diríase que son predicadores.

A cantidade de auga foi moi grande no tal diluvio, de maneira que superaría as montañas máis altas do país, e por mor diso quedou toda a xente somerxida e perdeuse. É cousa que eles teñen por segura, do mesmo xeito que nós temos aquilo que nos ensina a Sagrada Escritura. De todos modos, é máis fácil que eles se trabuquen xa que non teñen ningún método para gardar por escrito a memoria das cousas, fóra do que lles escoitaron dicir a seus pais; ademais que eles contan con pedras e outras cousas non sabendo contar máis que ata cinco, e contan os meses por lúas (como xa se dixo noutra parte), dicindo "hai tantas lúas que nacín, e tantas lúas que foi o diluvio", que fielmente se pode estimar en setecentos anos.

Afirman e manteñen constantemente a existencia do tal diluvio, e se é que se lles contradí, esfórzanse en procurar argumentos para soste-lo contrario. Logo que as augas baixaron e se retiraron, din que chegou un gran Caribe, o máis grande que xamais se vira entre eles, que trouxo con el un pobo dun país moi afastado, andando todos nus como aínda andan agora, que se multiplicou grandemente ata hoxe, de maneira que din que iso foi o que os fixo sobrevivir. Paréceme que non é abominable pensar que puidera haber outro diluvio que non fose o de Noé. De todas formas abstereime de falar xa que non dispoñemos de testemuña polas Escrituras.

Volvendo ó lume dos nosos salvaxes, vemos como o utilizan varias cousas, como para cociña-las non sabían abate-lo bosque, xusto ata que deron despois co medio de cortalo, primeiro con algunhas pedras e logo coas ferramentas que lles levaron os cristiáns que os visitaron. Así, conta Plinio no tomo VII da súa Historia natural que Dédalo foi o inventor da primeira forxa, na que el mesmo forxou unha trencha, una lima, unha serra e mesmo cravos. Ovidio, no Libro VIII das Metamorfoses, di que un tal Pedris, sobriño de Dédalo, inventou a serra a semellanza da espiña do peixe elevada no dorso. E da tal especie de peixe, pasando pola liña equinoccial no noso regreso, soubemos que tiña unha espiña dorsal dun pé sobre o dorso, a que habiamos debuxar cunha figura se fose posible, que esperamos poder facer noutra ocasión. Daquela, algúns destes salvaxes, logo dun tempo de desexaren estas ferramentas para o seu uso, puxéronse a forxar logo de aprenderen dos cristiáns.

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2000
© da tradución Xabier Queipo