|
I Un papagaio verde e amarelo, nunha gaiola pendurada ó outro lado da porta, non paraba de repetir unha e outra vez: –Allez vous-en! Allez vous-en! Sapristi! [1]¡Xa está ben! Falaba un pouco de español e doutra lingua que ninguén coñecía, a non se-lo paxaro burlón, que, pendurado ó outro lado da porta, asubiáballe á brisa notas afrautadas, con enlouquecida persistencia. O señor Pontellier, incapaz de le-lo xornal cun mínimo de comodidade, ergueuse con xesto e exclamación de enfado. Camiñou pola galería cruzou os estreitos “pontelos” que comunicaban as casas dos Lebrun, unha coa outra. Sentara diante da porta principal. O papagaio e o paxaro burlón pertencían a Madame Lebrun e tiñan o dereito de facer tanto barullo como lles petase. O señor Pontellier tiña o privilexio de deixa-la súa compaña cando deixaban de ser divertidos. Detívose diante da porta da súa casa. Era a cuarta e a penúltima dende o edificio principal. Sentou na bambeira que alí había e tentou unha vez máis le-lo xornal. Era domingo, e o xornal era do día anterior. Os xornais do domingo inda non chegaran a Grand Isle. Xa coñecía a información financeira, polo que botou unha ollada inqueda ós editoriais e noticias que non tivera tempo de le-lo día anterior, antes de saír de Nova Orleáns. O señor Pontellier levaba lentes. Tiña corenta anos, estatura media e complexión bastante delgada; estaba un pouco encurvado. Tiña o pelo castaño e liso e facía o carreiro ó medio; levaba a barba pulcra e minuciosamente recortada. De cando en vez afastaba a vista do xornal e miraba ó seu redor. Nunca houbera tanto ruído na casa. Ó edificio principal chamábanlle "A Casa" para distinguilo das outras. Os paxaros inda estaban a murmurar e trapelear. Dúas rapazas, as xemelgas dos Farival, tocaban ó piano un dúo de Zampa. Madame Lebrun entraba e saía. Cando entraba na casa dáballe ordes a un criado nun ton elevado e cando saía tamén lle daba instruccións, no mesmo ton elevado, á camareira. Era unha muller fermosa e fresca; sempre vestía de branco con mangas ata os cóbados. As súas saias amidonadas engurrábanse con tanto ir e vir. Máis abaixo, antes de chegar a unha das casas, unha muller vestida de negro camiñaba recatadamente rezando o rosario de punta a cabo. Moitos da pensión marcharan a Chênière Caminada no lugre de Beaudelet para escoitaren misa. Algúns rapaces estaban fóra xogando o croquet baixo os carballos acuáticos. Os rapaces do señor Pontellier, dous pequenos robustos de catro e cinco anos estaban alí. Unha neneira mulata vixiábaos con aire meditativo e distante. Finalmente, o señor Pontellier acendeu o xaruto e púxose a fumar, deixando que o papel escorregase, preguiceiro, da súa man. Reparou nun parasol branco que avanzaba a paso de caracol pola praia. Podía distinguilo claramente polo medio dos chupados troncos dos carballos acuáticos e os treitos de macela amarela. O golfo avistábase ó lonxe confundíndose coa cor azul do horizonte. Detrás do refuxio forrado de rosa ían a súa dona, a señora Pontellier, e o mozo Robert Lebrun. Cando chegaron á casa, sentaron con aspecto de fatiga no chanzo superior do soportal, un cara ó outro, cada un apoiado nunha columna. —¡Estades tolos, bañarvos a estas horas con esta calor...! –exclamou o señor Pontellier. El bañárase ó amencer. Por iso, a mañá facíaselle tan longa. —Estás tan queimada que é difícil recoñecerte –engadiu mirando á súa dona como se mira unha valiosa propiedade persoal logo de sufrir algún dano. Ela amosou as súas fortes e ben feitas mans, e observounas criticamente recollendo as mangas de muselina por riba do pulso. Mentres as miraba lembrou os aneis que lle dera ó seu marido antes de ir á praia. Caladiñamente, tendeulle a man; e, el, comprendendo, sacou os aneis do chaleco e deixounos caer na súa palma aberta. Ela deixounos escorregar polos dedos; logo, agarrándose ós xeonllos, mirou a Robert e botou a rir. Os aneis lucían nos seus dedos. Robert respondeulle cun sorriso. —¿Que tedes? –preguntou Pontellier, divertido e ollando con galbana a un e ó outro. Era algunha parvada; algún incidente na auga que ambos intentaron relatar ó mesmo tempo. Non tiña nin a metade de divertido unha vez contado. Decatáronse diso. Tamén o señor Pontellier, que bocexou e se espeliu. Logo ergueuse e dixo que tiña gana de ir botar unha partida de billar ó hotel de Klein. —¡Veña, anímese, Lebrun! –propúxolle a Robert. Mais Robert admitiu con franqueza que prefería quedar e falar coa señora Pontellier. —Ben. Edna, cando te moleste mándao a paseo –aconselloulle o marido cando se dispuña a marchar. —¡Toma, colle o parasol! –exclamou ela ofrecéndollo. El aceptou o parasol e ergueuno por riba da cabeza. Baixou as escaleiras e marchou. —¿Vas volver para a cea? –berroulle a muller. El detívose un intre e encolleu os ombreiros. Apalpou o peto do chaleco; había un billete de dez dólares. Non sabía. Quizais volvese cedo para a cea ou quizais non. Dependía da compaña que atopase en Klein e da envergadura do "xogo". No lle dixo esto, mais ela comprendeuno. Riu e díxolle adeus coa cabeza. Cando viron ó pai que marchaba, os dous rapaces quixeron seguilo. O señor Pontellier bicounos e prometeulles bombóns e cacahuetes.
II Os ollos da señora Pontellier eran vivos e brillantes. Eran dun marrón amarelo, case da mesma cor có seu cabelo. Ela tiña un xeito peculiar de tornalos axiña sobre un obxecto e mantelos alí, coma se estivese perdida nun labirinto interior de contemplación e pensamento. Tiña as cellas un pouquiño máis escuras có cabelo, mestas e case horizontais, resaltando a profundidade dos ollos. Máis que fermosa, era atractiva. O seu rostro, con esa indubidable franqueza de expresión e ese sutil e contradictorio xogo de xestos, facíase encantador. Tiña un aire seductor. Robert envolveu un cigarro. Fumaba cigarros porque non se podía permitir xarutos, dicía. Tiña no peto o xaruto que lle dera o señor Pontellier; estábao aforrando para fumalo despois da cea. Este tipo de cousas resultaba bastante característico e natural nel. A cor do seu cute non era moi diferente da da súa compañeira. A súa cara limpamente afeitada inda pronunciaba moito máis o parecido. No seu rostro non había indicios de inquedanza. Os ollos recollían e reflectían a luz e o devecer do día de verán. A señora Pontellier estirouse para colle-lo abano de follas de palma que estaba tirado no soportal e púxose a abanarse namentres Robert, ó fumar, deixaba saír entre os beizos lixeiras bafaradas de fume. Falaban sen parar; das cousas do contorno; da divertida aventura na auga –outra vez recuperara o seu cariz divertido; do vento, das árbores, da xente que fora a Chêrnière, dos rapaces xogando ó croquet baixo os carballos, e das xemelgas Farival, que agora estaban a toca-la obertura O poeta e o labrego. Robert falaba moito de si mesmo. Era moi novo e non se lle ocorría nada mellor. A señora Pontellier falaba pouco dela pola mesma razón. Cada un interesábase polo que dicía o outro. Robert falou da súa intención de ir a México no outono. Agardáballe a fortuna alí. Sempre estaba planeando ir a México, pero dun xeito ou doutro nunca chegaba aló. Entrementres, mantíñase no seu modesto posto nunha empresa financeira en Nova Orleáns, na que a familiaridade tanto do inglés, do francés coma do español lle servían de gran axuda na tarefa de oficinista e correspondente. Como adoitaba, estaba a pasa-las vacacións de verán coa nai en Grand Isle. Noutro tempo, antes de que Robert o puidese lembrar, "a casa" fora o luxo de verán dos Lebrun. Agora, franqueada por unha ducia ou máis de casas sempre ocupadas por distinguidos hóspedes do Quartier Français, permitíalle a Madame Lebrun mante-la folgada e cómoda existencia que parecía corresponderlle por dereito natural. A señora Pontellier falou da plantación que tiña seu pai en Mississipi e do seu fogar de xuventude nos campos de herba azulada do vello Kentucky. Era unha americana con pingas de sangue francés que semellaran perderse nunha dilución. Leulle a carta da irmá que estaba no Leste, na que anunciaba o seu compromiso matrimonial. Robert amosaba interese, quería saber qué clase de rapazas eran, cómo era o seu pai e cánto tempo había que a nai morrera. Cando a señora Pontellier dobrou a carta xa era hora de vestirse para a cea. —Xa vexo que Léonce non vai vir –dixo mirando na dirección pola cal desaparecera o marido. Robert supuxo que non, dada a cantidade de homes do club de Orleáns que había no local de Klein. Cando a señora Pontellier o deixou para entrar no seu carto, o mozo baixou as escaleiras e foi paseando ata onde os xogadores de croquet. Alí estivo durante a media hora antes da cea, divertíndose cos dous pequenos dos Pontellier, que lle tiñan moito agarimo.
III Eran as once da noite cando o señor Pontellier volveu do hotel de Klein. Viña dun humor excelente, con bo ánimo e moi falador. Ó entrar, espertou á súa muller, que estaba na cama e profundamente durmida. Faláballe, mentres se espía, das anécdotas, noticias e murmurios que acumulara ó longo do día. Sacou dos petos do pantalón unha presada de billetes engurrados e un feixe de moedas de prata. Pousábaas no escritorio de xeito indiscriminado xunto coas chaves, o pano da man e todo o que lle aparecía nos petos. Ela estaba rendida co sono e respondíalle con poucas e entrecortadas palabras. Considerou moi desalentador que a muller, o único obxecto da súa existencia, amosara tan escaso interese polas cousas que a el lle concernían e despreciase a súa conversa. O señor Pontellier esquecera os bombóns e os cacahuetes dos rapaces. Nembargantes, queríaos moito e foi ó cuarto contiguo, onde durmían, para botarlles unha ollada e asegurarse de que durmían pracenteiramente. O resultado da pescuda non foi en absoluto satisfactorio. Ó move-los rapaciños dun lado ó outro da cama, un deles púxose a dar couces e a falar dunha cesta chea de cangrexos. O señor Pontellier volveu cabo da súa dona para informala de que Raoul tiña a febre alta e necesitaba coidados. Logo acendeu un xaruto e foise sentar a fumalo preto da porta aberta. A señora Pontellier estaba segura de que Raoul non tiña febre xa que se deitara completamente san e non se queixara de nada en todo o día. O señor Pontellier coñecía demasiado ben os síntomas da febre para estar errado. Aseguroulle que o neno estaba consumíndose no cuarto do lado. Reprochoulle a falta de atención e o descoido habitual polos nenos. Se non era a tarefa dunha nai coida-los rapaces, ¿de quen demo era? El xa tiña dabondo co negocio de corredor de bolsa. Non podía estar en dous sitios ó mesmo tempo; gañando o pan para a familia fóra e vixiando na casa que non lles acontecese nada malo ós nenos. Falaba dun xeito monótono e insistente. A señora Pontellier brincou da cama e marchou ó cuarto do lado. Volveu axiña e sentou no bordo do leito, recostando a cabeza contra a almofada. Non dixo nada e negouse a responde-las preguntas do seu home, que se deitou unha vez rematou o xaruto e quedou profundamente durmido medio minuto despois. Aquela altura, a señora Pontellier estaba desvelada. Rompeu a chorar e enxugou as bágoas coa manga do pegnoir[2]. Apagou a candea que o seu home deixara ardendo e meteu de vagariño os pés espidos nun par de chinelas de satén que tiña ós pés da cama. Foise ó soportal, sentou na cadeira de vimbio e comezou a arrolarse suavemente. Pasaba da media noite. As casas estaban completamente ás escuras. Só se filtraba unha luz feble dende o vestíbulo da casa. Fóra non se escoitaba nada, agás os laídos dunha curuxa no alto dun carballo, e a sempiterna voz do mar que non estaba inspirada naquela apracible hora. Irrompía na noite coma unha triste canción de berce. As bágoas acudían tan rápido ós ollos da señora Pontellier, que a manga do pegnoir xa non servía para secalas, do húmida que estaba. Tiña unha man na espaleira da cadeira; a manga, estirada, case lle esvarara ata o ombreiro do brazo erguido. Volveuse e meteu a cara, empapada e húmida, entre os cóbados. Así seguiu chorando, agora sen preocuparse de seca-la cara, nin os ollos, nin os brazos. Non podería explicar por qué choraba. As tales experiencias non eran alleas a súa vida de casada, mais nunca antes tiveran tanto peso, tendo en conta a grande amabilidade e a constante lealdade do seu home que se daba tacitamente por entendida. Unha opresión indescritible, que semellaba orixinarse nalgunha parte descoñecida da súa consciencia, enchía o seu ser dunha vaga angustia. Era coma unha sombra, coma unha brétema atravesando o seu espírito nun día de verán. Era un estado de ánimo estraño e descoñecido. Non se sentara alí para recriminar por dentro ó seu marido, nin para queixarse do Destino, que guiara os seus pasos polos vieiros que colleran. Só estaba botando unha boa choremia. Os mosquitos pasábano ben á súa conta; estaban picándolle os firmes brazos redondos, e abrasándolle as descalzas empeñas dos pés. Os punzantes e zoadores pequenos demos conseguiron esvaecer un estado de ánimo que podería, de non ser así, mantela alí, na escuridade, polo resto da noite. Ó día seguinte o señor Pontellier ergueuse cedo para colle-lo rockaway[3] que o levaría ó peirao para embarcar no vapor. Volvía á cidade, ó negocio, e non o verían en Grand Isle ata ó vindeiro sábado. Xa recuperara a compostura, que dalgún xeito se deteriorara a noite anterior. Devecía por marchar e por pasar unha animada semana en Carandolet Street. Deulle á súa dona a metade dos cartos que gañara no hotel de Klein a noite anterior. A ela gustábanlle os cartos, coma ás demais mulleres; aceptounos con satisfacción. —¡Vou mercar un bo agasallo de voda para miña irmá Janet! –exclamou, mentres alisaba os billetes e os contaba de un en un. —¡Oh! Xa lle faremos algo mellor ca iso, querida –dixo o home, rindo, ó tempo que lle daba un bico de despedida. Os nenos brincaban ó redor, agarrando as pernas do pai, e implorándolle que lles trouxese moreas de cousas. O señor Pontellier era o gran favorito. As señoras, os homes, os rapaces, e mesmo as neneiras estaban sempre a punto para despedilo. A súa muller ficaba de pé dicíndolle adeus coas mans e os nenos berrando, mentres el desaparecía no vello rockaway polo camiño areoso. Uns días despois chegou unha caixa de Nova Orleáns para a señora Pontellier. Era do seu home. Estaba chea de friandises[4], con bocados suculentos e saborosos; as mellores froitas, patés, unha ou dúas botellas pouco frecuentes, deliciosos xaropes e moreas de bombóns. A señora Pontellier era sempre moi xenerosa co contido daquelas caixas. Estaba bastante afeita a recibilas cando estaban fóra. Levou os patés e a froita ó comedor; ofrecéulle-los bombóns e as donas, que, elixindo con dedos finos e discriminantes e tamén certa avídez, declararon que o señor Pontellier era o mellor marido do mundo. A señora Pontellier viuse na obriga de recoñecer que non coñecía ningún mellor.
IV Sería unha tarefa difícil para Pontellier definir, á súa enteira satisfacción ou á de calquera outro, onde fallaba a súa muller nas obrigas cara ós fillos. Era máis ben un sentimento que unha percepción pero sempre expresaba este sentimento co subseguinte arrepentimento e un gran desexo de purificación. Se un dos rapaces caía mentres xogaba, non se botaba, buscando consolo, nos brazos da nai. O máis probable era que se erguese, secase as bágoas dos ollos, quitase as areas da boca e seguise xogando. Como fan os rapaces, formaban bandas e, con toda a valentía, encerellábanse en batallas infantís con puñazos e berros que, polo xeral, prevalecían sobre os dos outros rapaces máis encariñados coas nais. A neneira mulata resultáballes un grande atranco; só servía para abotoar blusas e bombachos e para peitealos e facérlle-la raia, dado que segundo parecían impo-los regulamentos sociais, o pelo debía ir coa raia e peitearse. En resumo, a señora Pontellier non era unha gran nai, e aquel verán parecían prevalece-las grandes nais en Grand Isle. Era doado recoñecelas, revoando coas ás estendidas e protectoras cando calquera tipo de perigo real ou imaxinario ameazaba ás crías. Idolatraban ós fillos e adoraban ós maridos e consideraban un gran privilexio anularse a si mesmas como individuos e deixar que lles medrasen ás coma anxos da garda. Algunhas delas resultaban deliciosas no papel. Había unha que era a encarnación da gracia e o encanto feminino. Se o seu marido non a adorase, merecería a tortura lenta ata a morte. Chamábase Adèle Ratignolle e non hai palabras para describila, non sendo as antigas que servían e serven para describi-las antigas heroínas de romance e as fadas dos nosos soños. Os seus encantos non tiñan nada de sutil e de oculto; toda a súa beleza estaba alí, esplendorosa e aparente: a madeixa de pelo dourado que nin peites nin prendedores lograban conter; os ollos azuis, talmente coma zafiros; os beizos pregados, tan vermellos que, ó miralos, lembraban ás cereixas ou outra saborosa froita carmesí. Estaba engordando un pouco, mais esto non parecía que lle distraese un ápice de gracia a cada paso, postura ou xesto. O seu branco pescozo non podía estar nin un chisco menos cheo nin os fermosos brazos máis delgados. Nunca houbo mans máis exquisitas, era un pracer contemplalas cando enfiaba unha agulla ou axustaba o dedal de ouro no afiado dedo corazón, mentres cosía os pantalonciños de durmir ou reformaba un corpiño ou babeiro. Moitas tardes, Madame Ratignolle, que estaba moi encariñada coa señora Pontellier, collía a costura e sentaba con ela. Estaba alí sentada a tarde do día no que chegou a caixa de Nova Orleáns. Tomara posesión do bambán e estaba ocupada cosendo uns diminutos calzóns de noite. Trouxéralle o modelo de pantalóns á señora Pontellier para que o cortase; un prodixio de construcción, elaborados para enfundar tan eficazmente o corpo dun neno, que só se vían dous buratiños na peza, coma as dos esquimós. Estaban deseñados para poñer en inverno, cando ventos traizoeiros baixan polas chemineas e as insidiosas correntes, mortais co frío, penetran polos buratos das pechaduras. De momento a señora Pontellier estaba bastante tranquila no relativo ás necesidades materiais dos nenos, polo que non vía utilidade no feito de anticipar e converte-la roupa invernal de cama no tema das meditación estivais. Emporiso, como non quería mostrarse pouco simpática e desinteresada, trouxo os xornais, estendeunos no chan da galería e baixo a dirección de Madame Ratignolle cortou un patrón da impenetrable vestimenta. Robert estaba alí, sentado, coma o domingo anterior. A señora Pontellier no chanzo máis alto, recostada indolentemente contra a columna. A carón dela había unha caixa de bombóns que lle ofrecía, de cando en vez, a Madame Ratignolle. A dama semellaba estar nun apuro á hora de escoller, pero finalmente decantouse pola barriña de turrón de améndoas, preguntándose se non sería forte de máis e se lle faría mal. Levaba sete anos casada e cada dous, aproximadamente, tiña un neno. Daquela, tiña tres e comezaba a pensar no cuarto. Falaba continuamente do seu "estado", a pesar de que tal "estado" non era de ningún xeito aparente, e ninguén se decataría se non fose pola súa insistencia de sacalo como tema de conversa. Robert comezou a tranquilizala, asegurándolle que coñecera unha dama que subsistira a base de barriñas de turrón de améndoas durante todo o ...; vendo que a señora Pontellier se poñía vermella detívose e cambiou de tema. A señora Pontellier, inda que casara cun crioulo, non se sentía totalmente cómoda na sociedade dos crioulos. Nunca antes se relacionara estreitamente con eles. Aquel verán, na casa dos Lebrun non había máis que crioulos. Todos se coñecían entre si e sentíanse coma unha gran familia con excelentes relacións entre os seus membros. Un dos aspectos que os distinguía e o que máis sorprendía á señora Pontellier era a súa absoluta falta de pudor. Ó principio, a súa liberdade de expresión resultáballe incomprensible, inda que non tivo dificultade en conciliala coa orgullosa castidade que nas crioulas parecía ser innata e evidente. Endexamais esquecería o impacto que lle produciu escoitar á Madame Ratignolle contándolle a Monsieur Farival o angustioso relato dos seus accouchements[5], revelando tódolos detalles máis íntimos. Inda que se ía afacendo a estes pequenos sobresaltos, non podía evitar que o rubor lle subise ás meixelas. Máis dunha vez, a súa chegada interrompía os graciosos relatos cos que Robert divertía un grupo de mulleres casadas. Circulara certo libro por toda a pensión. Cando lle tocou a Edna a vez de lelo, non deixou de abraiarse. Sentíase impulsada a facelo en segredo e soidade, inda que ningún dos outros o fixera deste xeito, agachándoo cando escoitaba pasos que se achegaban. De tanto que se criticaba e discutía abertamente na mesa, deixou de sentirse abraiada e chegou á conclusión de que nunca deixaría de sorprenderse.
V Sentados alí, aquela tarde de verán formaban un
grupo simpático; Madame Ratignolle, cosendo e deténdose a miúdo para contar
unha historia ou incidente, xesticulando expresivamente coas súas mans
perfectas; Robert e a señora Pontellier, sentados e ociosos, intercambiaban, de
cando en vez, palabras, olladas e sorrisos que revelaban un certo estado
avanzado de intimidade e camaraderie[6]. Robert vivira á sombra de Edna todo o mes anterior. A ninguén lle estrañou. Moitos previran, cando chegou, que se había consagrar ó servicio da señora Pontellier. Dende os quince anos, once anos atrás, Robert viña constituíndose cada verán, en Grand Isle, no fiel servinte dalgunha dama ou damiña. Unhas veces era unha mociña, outras unha viúva, mais non con pouca frecuencia era algunha muller casada interesante. Durante dous veráns consecutivos viviu baixo a luz da presencia de Mademoiselle Duvigné, pero esta morreu entre un verán e outro. Despois, Robert, facéndose pasar por inconsolable, botouse ós pés de Madame Ratignolle, disposto a recolle-las migallas de simpatía e consolo que ela se compracería en outorgarlle. Á señora Pontellier gustáballe sentar e contempla-la súa fermosa compañeira, como faría cunha madona impecable. —¿Podería alguén desentraña-la crueldade baixo ese aspecto fermoso? –murmuraba Robert–. Constáballe que houbo un tempo no que a adorei e ela deixábase adorar. Todo era: "Robert, ven, vaite; érguete, séntate; fai esto, fai aquelo; mira se o neno dorme; por favor o dedal, deus sabe onde o poría. Vén lerme a Daudet mentres coso”. —Par exemple![7] Nunca tiven que pedirlle a vostede nada. Estaba sempre ós meus pés coma un gato pesado. —Quere dicir coma un can adorable. Tan pronto
Ratignolle aparecía en escena, convertíase nun can. Passez! Adieu!
Allez-vous en![8] —Pode que temese poñer celoso a Alphonse –interveu Edna con tanta inxenuidade que fixo rir a todos. ¡Coma se a man dereita puidese estar celosa da esquerda e o corazón da alma! Mais niso, os maridos crioulos nunca teñen celos; neles a paixón malsá achícase pola falla de uso. Namentres, Robert dirixíndose á señora Pontellier, continuaba a falar do que nun tempo foi a súa imposible paixón por Madame Ratignolle; as noites de insomnio; os ardores que o consumían e que facían ferve-lo mesmísimo mar cando se daba a chapuzadura diaria. Mentres, a dama da agulla seguía facendo sobre a marcha comentarios parcos e despectivos: —Blagueur, farceur, gros bête, va![9] Endexamais adoptaba a soas coa señora Pontellier aquel ton traxicómico, polo que ela non sabía nunca, exactamente, como afrontalo. Mesmo naquel intre, resultáballe imposible discernir cánto había de broma e canto de serio. Era evidente que Robert lle falaba con frecuencia de amor a Madame Ratignolle, sen ningún propósito de que que esta o tomase en serio. A señora Pontellier alegrábase de que non adoptase con ela o mesmo papel. Sería inaceptable e molesto. A señora Pontellier trouxera os pinceis, que mollaba de cando en vez dun xeito moi pouco profesional. Gustáballe mollalos e sentir esa satisfacción que ningunha outra actividade podía proporcionarlle. Durante moito tempo desexara intentalo con Madame Ratignolle. Nunca lle parecera aquela muller un tema tan tentador coma naquel intre, sentada alí coma unha sensual Madonna, co resplandor do solpor enriquecendo a súa espléndida cor. Robert pasou por riba e sentou no chanzo inferior ó dela, de xeito que puidese contempla-lo seu traballo. Manexaba os pinceis con certa facilidade e desenvolvemento, que proviñan máis ben dunha aptitude natural que dun coñecemento fondo e prolongado. Robert seguía o traballo con rigorosa atención, lanzando exclamacións de admiración en francés que dirixía a Madame Ratignolle. —Mais c´est n´est pas mal! Elle s´y connait,
elle a de la force, oui[10]. Nunha ocasión, mentres atendía absorto, recostou sosegadamente a cabeza contra o brazo da señora Pontellier, e con idéntica suavidade ela rexeitouno. Repetiu o ataque unha vez máis. Edna só podía pensar que era un descoido pola súa parte, mais inda así non debía toleralo. Non protestou pero volveu rexeitalo, con suavidade pero con firmeza. Robert non se desculpou. O cadro rematado non gardaba semellanza con Madame Ratignolle, que se amosou desilusionada polo escaso parecido. Nembargantes, era un traballo fermoso e bo dende moitos puntos de vista. Evidentemente, a señora Pontellier non o consideraba así, e despois de botarlle unha ollada crítica ó bosquexo, atravesouno cun amplo brochazo de pintura e engurrouno entre as mans. Os pequenos chegaron saltando polas escaleiras, seguidos pola mulata á distancia respectuosa que eles lle obrigaban a manter. A señora Pontellier fíxolles meter na casa as súas pinturas e útiles de debuxo e intentou detelos para leriar un pouco e facerlles carantoñas, pero eles ían ó seu. Unicamente viñeran indaga-lo contido da caixa de bombóns. Aceptaron sen queixas o que súa nai seleccionara, alongando cada un o seu par de mans gordechas e fondas coa va esperanza de que fosen colmadas. Despois marcharon. O sol ocultábase polo oeste e unha brisa suave e lánguida viña do sur, cargada co seductor aroma do mar. Os nenos, vestidos con roupas frescas, íanse reunindo para xogar baixo os carballos. Os berros furaban os oídos. Madame Ratignolle recolleu a costura, colocou o dedal, as tesoiras e mailo fío, ben colocadiños, na bolsa de costura e atouna cun alfinete. Queixouse de estar a piques de esvaecer, e a señora Pontellier foi voando buscar auga de colonia e un abano. Enchoupoulle a cara, mentres que Robert axitaba o abano con innecesario vigor. O desmaio pasou de contado, e a señora Pontellier non puido evitar preguntarse se non sería a imaxinación a responsable dalgún xeito xa que a cor rosada non desaparecera un só instante do rostro da súa amiga. Ficou de pé, a olla-la fermosa muller baixando pola longa fileira de soportais, coa gracia e a maxestosidade que ás veces se lles atribúe ás raíñas. Os seus pequenos correron ó encontro. Dous deles agarráronse á branca saia; o terceiro colleuno ela mesma das mans da neneira e, con mil caricias, sostívoo nos cálidos e acolledores brazos. De todos era ben sabido que o médico prohibíralle ata levantar un alfinete . —¿Vaise bañar? –preguntoulle Robert á señora Pontellier. Era máis ben un recordatorio que unha pregunta. —¡Oh, non! –contestou ela, indecisa–. Estou cansa, creo que non. A mirada de Edna paseou dende o rostro de Robert ata o Golfo. O seu murmurio sonoro chegáballe coma unha súplica amorosa e imperativa. –¡Veña! –insistiu el–. Non debe perde-lo baño. ¡Veña! A auga debe de estar deliciosa. Non lle fará mal. ¡Veña! Robert alcanzou o enorme e rudo sombreiro de palla, que Edna penduraba dun gancho na parte exterior da porta e colocoullo na cabeza. Despois baixaron a escalinata e camiñaron xuntos cara á praia. O sol afundíase rumbo ó oeste, a brisa sopraba suave e cálida.
VI Edna Pontellier non podería dicir por qué, malia desexar ir á praia con Robert, empezara negándose, para de seguida, obedecer submisa a un dos dous pulos contradictorios que a empurraban. Certa luz empezaba a despuntar a modiño no seu interior, a luz que amosa o camiño, e, á súa vez o prohibe. Polo de agora non facía senón desconcertala. Levábaa a soñar, a cavilar e á borrosa angustia que a invadira a noite anterior, cando se abandonara ás bágoas. En resumo, a señora Pontellier estaba empezando a ser consciente da súa posición no universo como ser humano e, como individuo, a recoñece-las súas relacións co mundo que a rodeaba e co seu propio mundo interior. Esto podería semella-la pesada carga de sabedoría descendendo sobre o espírito dunha moza de vinteoito anos; pode que máis sabedoría da que o Espírito Santo adoita conceder ás mulleres. Mais o principio das cousas, en especial o dun mundo, son necesariamente vagos, confusos, caóticos e sumamente turbadores. ¡Poucos de nós chegamos a superar ese comezo! ¡Cantas almas perecen no tumulto! A voz do mar é seductora, incesante, moumea, clama e murmura, convidando o espírito a vagar enfeitizado polos abismos da soidade; a perderse en labirintos de meditación. A voz do mar fálalle ó espírito. O contacto do mar é sensual e envolve o corpo nunha suave e estreita aperta.
VII Facer confidencias fora ata entón un trazo alleo o seu carácter. Mesmo cando era pequena levara unha vida infantil reservada. Moi cedo percibira instintivamente a dualidade vital entre a vida externa que asente e a interna que cuestiona. Aquel verán en Grand Isle comezou a ceibar algo o manto de reserva que sempre a envolvera. Deberan existir, e de seguro que existiran, sutís e evidentes influxos, que de mil xeitos diversos, provocaron que se comportase do xeito que o fixo; pero a influencia máis obvia exerceuna Adèle Ratignolle. O enorme encanto físico daquela muller crioula foi a primeira cousa que a engaiolou, pois Edna posuía certa sensibilidade instintiva para a beleza. Despois, a franqueza que desprendía a completa existencia daquela muller, que calquera podía percibir e que, por outra banda, contrastaba de xeito salientable coa habitual reserva de Edna. Esto debeu se-lo que estableceu o vencello. ¿Quen sabe que metais empregan os deuses para forxa-los delicados vencellos que denominamos simpatía e que ben se poderían chamar amor? As dúas mulleres saíron unha mañá xuntas cara á praia, collidas do brazo, baixo o enorme parasol branco. Edna convencera a Madame Ratignolle para que deixase os nenos atrás, pero non a puido inducir a solta-lo diminuto labor de bordado que Adèle, despois de moito suplicar, conseguiu meter no fondo do bolso. De xeito inexplicable, escapáranlle a Robert. O paseo ata a praia non era insignificante, tendo en conta o longo camiño de area, no que a esporádica e enmarañada maleza que o franqueaba, facía inesperadas e frecuentes incursións no camiño. Acres enteiros de macela estendíanse a cada lado, e, inda máis lonxe, había unha chea de hortas, moitas delas con pequenas plantacións de laranxeiras e limoeiros. A cor verde escura das árbores resplandecía ó sol dende lonxe. Inda que ámbalas dúas mulleres eran de considerable estatura, Madame Ratignolle posuía unha figura máis feminina e matrona. O encanto físico de Edna cativaba sen que un fose consciente. As liñas do seu corpo eran alongadas, limpas e simétricas. De cando en vez, adoitaba posturas magníficas que nada tiñan que ver coa elegancia estereotipada dun figurino de moda. Para un observador casual e indiferente bastaría cunha ollada ó seu contorno. Mais, de posuír mais sensibilidade e mellor criterio, recoñecería a nobre beleza das feituras e a graciosa severidade de movementos e poses que facían a Edna diferente do montón. Aquela mañá levaba un fresco vestido de muselina branca cunha banda en zigzag de cor marrón, que ía de arriba a abaixo; un colo de liño branco e o sombreiro de palla que colgaba na parte exterior da porta. Levábao posto de calquera xeito, sobre o pelo dourado, lixeiriñamente ondulado, abondoso e moi pegado á cabeza. Madame Ratignolle, máis sensible coa súa cute, envolvera a cabeza cun veo de gasa. Levaba unhas luvas de badana e manoplas que lle protexían os pulsos. Ía completamente de branco, con volantes de seda que lle sentaban moi ben. As roupaxes e pezas vaporosas que puña, harmonizaban coa súa espléndida e luxosa beleza, como non podería facer roupa de liña máis severa. Ó longo da praia había varias casetas de baño, rudimentarias pero solidamente construídas, cuns pequenos soportais protectores que daban á auga. Cada caseta constaba de dous compartimentos, e cada unha das familias que se aloxaba nas dependencias dos Lebrun tiña unha, equipada con tódolos avíos para o baño e calquera outra comodidade que os propietarios puidesen desexar. Ningunha das dúas mulleres tiña intención de se bañar. Baixaran á praia por dar un paseo e estaren soas preto da auga. Os compartimentos dos Pontellier e dos Ratignolle estaban xuntos, baixo o mesmo teito. Como de costume, a señora Pontellier trouxera a chave. Abriu a porta do seu cuartiño de baño e entrou e saíu de contado cunha esteira, que estendeu sobre o chan do soportal, e dous enormes coxíns de lona, que colocou contra a fachada da construcción. Sentaron alí, á sombra do soportal, ombreiro con ombreiro, reclinadas nos almofadóns, coas pernas estiradas. Madame Ratignolle quitou o veo, enxugou a cara cun pano, un tanto fino, e deuse aire co abano, que sempre levaba colgado dalgún sitio, cunha cinta longa e estreita. Edna quitou o colo e desabotoou o vestido á altura da gorxa. Colleulle o abano e comezou a abanar á súa compañeira e a si mesma. Ía moita calor, e durante un tempo limitáronse a intercambiar comentarios sobre a calor, o sol, a claridade. Nembargantes, sopraba a brisa; un vento forte e racheado batía na auga ata convertela en escuma. Axitaba as saias das dúas mulleres, apurándoas, por un momento, en axustalas e compoñelas, protexéndose e asegurando as pinzas e os alfinetes dos sombreiros. Un pouco máis aló, algunhas persoas estaban a xogar na auga. Naquela hora, a penas había ruídos de xente na praia. A muller de negro lía as oracións matutinas no soportal dunha caseta de baño veciña. Dous mozos namorados intercambiaban confidencias amorosas baixo o toldo dos nenos, que atoparan baleiro. Edna Pontellier, despois de botar unha ollada ó seu redor, descansou a mirada no mar. O día era tan claro que se albiscaba a liña do ceo; unhas poucas liñas brancas flotaban ociosamente no horizonte. Víase unha vela latina en dirección a Cat Island, e outras, máis ó sur, aparentemente inmóbiles na distancia. —¿Que está a pensar ou en quen? –preguntoulle Adèle á súa compañeira, despois de tela ollado con divertida atención, cativada pola expresión absorta que parecía apresar e polas súas faccións cravadas no repouso dunha estatua. —En nada –contestou, sobresaltada; axiña engadiu–: ¡Que estúpida! Coido que é xusto a resposta que se dá instintivamente a esa pregunta. Imos ver –continuou, botando a cabeza cara a atrás e entornando os seus fermosos ollos ata que resplandeceron coma dous intensos puntos de luz–. A ver; en realidade non era consciente de estar pensando en nada; pero quizais poida reface-los meus pensamentos. —¡Oh, non importa! –riu Madame Ratignolle–, non quero ser tan esixente; por esta vez perdóolle. A verdade é que vai demasiada calor para pensar; sobre todo para pensar no qué se pensa. —É so por divertirme –insistiu Edna–. Ó principio foi a visión da auga estendéndose ó lonxe; aquelas velas sen movemento contra o ceo azul facían un cadro tan delicioso que o meu único desexo era ficar sentada contemplándoo. Despois, o vento cálido, baténdome na cara, tróuxome á memoria, sen que poida establecer ningunha conexión, un día de verán en Kentucky e un prado tan grande coma o océano para unha meniña que camiñaba pola herba, máis alta cá súa cintura. Ó andar, a nena estendía os brazos coma se nadase, batendo na herba, xa medrada, coma se estivese na auga. ¡Ah, agora xa vexo a relación! —¿Onde ía aquel día en Kentucky, camiñando entre a herba? —Non me lembro agora. Só cruzaba en diagonal un campo enorme. O gorro de sol ocultábame a paisaxe. O único que vía diante miña era unha extensión verde, e sentía como se tivese que camiñar para sempre, sen chegar nunca ata o final. Non me lembro se aquelo me asustaba ou me agradaba, inda que supoño que me divertiría. —Probablemente fose domingo –proseguiu rindo–, e eu fuxía dos rezos do servicio presbiteriano que meu pai lía de xeito tan tétrico que, inda hoxe, se me pon a pel de galiña ó recordalo. —¿E está fuxindo dos rezos dende entón, ma chère[11]? –preguntou Madame Ratignolle divertida. —Non, non –apresurouse a dicir Edna–. Daquela, só era unha rapaza atoleirada, que seguía sen cuestionar un estímulo errado. Por contra, durante un período da miña vida, a relixión exerceu unha gran influencia sobre min; dende os doce anos ata... ata, ben, pois supoño que ata agora mesmo, inda que nunca pensei moito niso, limiteime a deixarme levar pola rutina. Pero ¿sabe unha cousa? –interrompeuse, volvendo a súa mirada avispada cara á Madame Ratignolle e botándose un pouco adiante para achega-lo rostro ó da súa compañeira–. Ás veces sinto coma se este verán estivese de novo percorrendo aquel prado verde, con preguiza, á deriva, sen reflexión ningunha. Madame Ratignolle pousou a man por riba da da señora Pontellier, que estaba ó seu carón. Dado que non a rexeitaba, apertouna firme e calorosamente, e incluso, coa outra man deulle uns golpiños cariñosos, mentres que cunha voz a penas audible murmuraba: pauvre chérie[12]. Ó principio, o xesto resultou un pouco confuso para Edna, pero axiña se entregou de bo grado á doce caricia da crioula; non estaba afeita a exteriorizar e manifestar cariño con palabras, nin tampouco a que os demais o expresasen. Ela e a súa irmá menor, Janet, tiveran o desafortunado costume de pelexar constantemente. A súa irmá máis vella, Margaret, era unha matrona digna, quizais porque, á morte da nai, inda moi novos, asumira demasiado cedo responsabilidades maternais e de ama de casa. Margaret non acostumaba expresa-lo seu cariño, dábao por sentado. Edna tivera algunha que outra amiga, pero ben por casualidade, ben deliberadamente, todas eran do mesmo estilo: reservadas. Nunca caera na conta de que a reserva do seu propio carácter tiña moito que ver ou quizais era o único culpable deste feito. A amiga máis íntima do colexio, de excepcionais dotes intelectuais, escribía fermosas redaccións que Edna admiraba e se esforzaba en imitar; ámbalas dúas rapazas sostiñan conversacións e apaixonábanse cos clásicos ingleses, e mesmo discutían de política e relixión. Edna adoitaba sorprenderse ó observar unha tendencia súa que, ás veces, a perturbaba interiormente sen provocar ningunha evidencia nin manifestación exterior pola súa parte. Cando era nena –tal vez cando percorría o océano de herba ondulante– recordaba que se namorara apaixonadamente dun digno oficial de cabalería de mirada triste, que visitaba a seu pai en Kentucky. Non podía abandona-la súa presencia cando el estaba alí, nin afasta-la mirada do seu rostro, semellante ó de Napoleón, cunha guedella de pelo louro caéndolle sobre a fronte. Pero o oficial de cabalería desapareceu da súa vida imperceptiblemente. Noutro momento, os seus afectos estiveron totalmente reservados a un cabaleiro novo que frecuentaba unha dama da plantación veciña. Esto foi despois de se trasladaren a vivir a Mississipi. O mozo estaba prometido en matrimonio á filla da casa, e, algunhas tardes, chamaban a Margaret para dar un paseo en carroza. Edna era unha pequena señorita, case unha adolescente, e comprobar que non significaba nada, absolutamente nada, para o comprometido mozo, causáballe unha amarga dor. Mais el tamén seguiu o camiño dos soños. Era unha muller cando lle chegou o que supuña a culminación do seu destino. Sucedeu cando o rostro e o corpo dun gran actor de traxedia lle empezaron a roldar polo maxín e esperta-los sentidos. A persistencia do capricho proporcionáballe un toque de autenticidade e a imposibilidade de conseguilo dáballe o matiz sublime dunha grande paixón. Tiña a fotografía del enmarcada enriba da mesa, porque calquera pode posuí-la foto dun actor sen levantar sospeitas nin comentarios (pensamento sinistro co que ela se protexía). En presencia dos demais, expresaba a súa admiración polas magníficas aptitudes do actor, mentres amosaba a foto e se estendía sobre a fidelidade do parecido. Cando estaba soa, adoitaba collela e bica-lo frío cristal apaixonadamente. O seu matrimonio con Léonce Pontellier fora simplemente un accidente, coma moitos outros matrimonios que se fan pasar por disposicións do Destino. Coñeceuno mentres vivía a súa gran paixón secreta. El namorouse como adoitan face-los homes, e insistía en cortexala con tal seriedade e ardor que non se podía desexar máis. A Edna gustáballe. A súa rotunda devoción alagábaa, e imaxinou que existía entre eles unha complicidade de ideas e gustos, o cal resultou unha equivocación. Se lle engadimos a esto a violenta oposición do pai e da súa irmá Margaret a que casase cun católico, non fai falla afondar máis nos motivos que a levaron a aceptar a Monsieur Pontellier coma marido. A máxima ledicia, que implicaba casar co actor, non era o seu destino na vida. Pareceulle que debía ocupa-lo seu lugar no mundo das cousas reais con certa dignidade, como esposa devota dun home que a adoraba, pechando para sempre tras dela portas que conducen ó reino das aventuras e dos soños. Pero pouco despois de que o actor fose unirse co oficial de cabalería, o mozo comprometido e uns cantos máis, Edna atopouse cara a cara coa realidade. Empezou a collerlle cariño ó seu home, advertindo, cunha inexpresable satisfacción, que nas tinguiduras do seu afecto por el non había rastro de paixón nin de excesivo e falso ardor, e que, polo tanto, o seu sentimento non ameazaba disolución. Queríalles ós fillos de xeito desigual e impulsivo. Ás veces, apertaríaos apaixonadamente contra o peito, noutros momentos esqueceríaos. O ano anterior pasaran parte do verán coa súa avoa Pontellier en Ibervillle. Sentíndose segura no referente á súa felicidade e benestar non os botou en falta, a non ser nalgún intre de intensa morriña. A súa ausencia foi unha especie de alivio, inda que non o admitise, nin sequera interiormente. Pareceu liberala dunha responsabilidade cegamente asumida para a cal o Destino non a dotara. Edna non lle revelou a Madame Ratignolle todo esto aquel día de verán, sentadas fronte ó mar, pero deixou escapar gran parte. Coa cabeza reclinada no ombreiro de Madame Ratignolle e o rostro ruborizado, sentíase intoxicada polo son da súa propia voz e o desacostumado sabor da sinceridade. Embriagábaa coma o viño ou coma o primeiro sopro de liberdade. Escoitaron voces que se achegaban. Era Robert, rodeado dun tropel de nenos, a buscalas. Os dous pequechos Pontellier ían con el, e levaba nos brazos a nena pequena de Madame Ratignolle. Acompañábano tamén outros nenos, e dúas neneiras con aspecto malhumorado e resignado. As mulleres erguéronse de seguida e comezaron a sacudi-las roupas e desentumece-los músculos. A señora Pontellier botou os coxíns e a esteira dentro da caseta do baño. Os nenos liscaron cara ó toldo e ficaron alí nunha fileira, ollando os intrusos namorados que inda seguían a intercambiar promesas e miradas. Os namorados erguéronse cunha calada protesta e marcharon andando de vagar cara a algures. Os nenos tomaron posesión do toldo, e a señora Pontellier uniuse a eles. Madame Ratignolle rogoulle a Robert que a acompañase á casa; queixábase de calafríos nos brazos e rixidez nas articulacións. Ó camiñar, apoiouse preguiceira no brazo de Robert. VIII —Faime un favor, Robert –dixo a fermosa muller que tiña ó lado, tan logo como iniciaron o lento camiño de volta á casa. Ergueu o rostro cara a el e recostouse no seu brazo, ó abeiro da sombra que facía o parasol que el despregara. —Déao por feito; tantos como desexe –contestoulle baixando a mirada ata os ollos de Adèle, cheos de solicitude e un chisco de cálculo. —Só che pido un: que deixes en paz á señora Pontellier. —Tiens! –exclamou cunha súbita e xovial
gargallada–. Voilà que
Madame Ratignolle est jalouse![13] —¡Déixate de parvadas! Estou a falar en serio; non cho digo por dicir. ¡Deixa á señora Pontellier en paz! —¿Por que? –preguntou Robert, poñéndose serio ó escoita-la petición da súa acompañante. —Ela non é dos nosos, non é coma nós. Podería comete-lo desafortunado disparate de tomarte en serio. A cara de Robert púxose rubia coa rabia. Quitou o lixeiro sombreiro e púxose a bater con el, impaciente, contra a perna, mentres seguía a camiñar. —¿Por que non había de tomarme en serio? –preguntou en ton cortante–. ¿Acaso son un comediante, un pallaso ou un boneco de feira? ¿Por que non o ía facer? ¡Vostedes, os crioulos, fanme perde-la paciencia! ¿Ou seica sempre me han de tomar coma un divertido número circense? Espero que ela polo menos me tome en serio, que sexa suspicaz dabondo para descubrir en min algo máis có blagueur[14]. Se, de feito, houbese algunha dúbida... —¡Oh Robert, xa abonda! –exclamou, interrompendo o acalorado arranque de Robert–. Non pensas nin o que dis. Falas con tan pouca reflexión como cabería esperar dun dos rapaces que xogan aí abaixo na area. Se de feito as túas atencións a calquera muller casada de aquí tivesen a intención de ser convincentes, non sería-lo cabaleiro que todos sabemos que es, nin serías digno de relacionarte coas esposas e fillas da xente que confía en ti. Madame Ratignolle falaba de acordo co que ela pensaba que era a lei de Deus e dos homes. O mozo encolleu os ombros impaciente. —¡Vaia, vaia! Tampouco é iso –dixo colocando enerxicamente o sombreiro na cabeza–. Como comprenderá, non son cousas moi afagadoras para lle dicir a un home. —¿Daquela, toda a nosa relación vai consistir nun intercambio de cumpridos? Ma foi![15] —Non é moi agradable que unha muller che diga... –continuou con aire distraído, pero interrompéndose de súpeto–, inda que se eu fose coma Arobin... ¿Lémbrase de Alcée Arobin e aquela historia coa esposa do cónsul de Biloxi? –E contoulle a historia de Arobin e a muller do cónsul, e outra sobre un tenor da ópera francesa, que recibiu cartas que endexamais deberan escribirse; e outras historias serias e divertidas, ata que a señora Pontellier, e a súa posible propensión a toma-los mociños en serio, quedaron aparentemente esquecidas. Cando chegaron á casa, Madame Ratignolle entrou para durmi-la sesta que consideraba saudable. Antes de marchar, Robert pediulle perdón pola impaciencia, máis ben descortesía, coa que recibira a ben intencionada advertencia. —Enganouse en algo, Adèle –dixo, cun lixeiro sorriso–; non hai a máis remota posibilidade de que a señora Pontellier me tome en serio. Debeu advertirme que non me tomase a min mesmo demasiado en serio. Daquela, o seu consello tería certo peso para min, e proporcionaríame tema de reflexión. Au revoir[16]. En fin, parece cansa –engadiu, solícito–. ¿Apetécelle unha cunca de consomé? ¿Prepárolle un ponche? Permítame combinarllo cunhas pinguiñas de Angostura. Ela accedeu á suxestión do consomé, parecíalle apetecible e de agradecer. Robert dirixiuse á cociña, un edificio separado das casas, situado na parte traseira da casa. Levoulle el mesmo o dourado consomé nunha delicada cunca de Sèvres, cun ou dous follados no prato. Adèle sacou o seu branco brazo espido a través da cortiniña que protexía a porta aberta e colleu a cunca das mans de Robert. Díxolle que era un bon garçon[17], e falaba en serio. El deulle as gracias e volveu cara á "casa". Naqueles intres, os namorados entraban nos terreos da pensión. Apoiábanse un no outro coma os carballos acuáticos cando dobran co aire do mar. Non pisaban o chan; camiñaban como por entre as nubes, abstraídos de tal xeito que lles daría o mesmo andar cabeza abaixo. A muller de negro, escorregando detrás deles, parecía un chisco máis pálida e máis cansa que de costume. Non había sinais da señora Pontellier, nin dos nenos. Robert escudriñou ó lonxe, buscándoos. Sen dúbida quedarían fóra ata a hora de cear. O mozo subiu ó cuarto de súa nai, situado no alto da casa. Tiña estraños ángulos, un curioso teito inclinado e dúas amplas bufardas que daban ó golfo, dende as que se podía ver tan lonxe como a vista alcanzase. Os mobles do cuarto eran lixeiros, refrescantes e prácticos. Madame Lebrun estaba moi atarefada coa máquina de coser. Unha rapaciña negra, sentada no chan, golpeaba os pedais da máquina coas mans. As mulleres crioulas non arriscan a saúde se o poden evitar. Robert entrou e sentou no amplo peitoril dunha das bufardas. Sacou un libro do peto e púxose a ler con avidez, a xulgar pola precisión e a frecuencia coa que pasaba as páxinas. A máquina de coser, un modelo voluminoso e antigo, producía un sonoro ruído na dependencia. Nos intervalos, Robert e a súa nai intercambiaban fragmentos inconexos de conversación. —¿Onde está a señora Pontellier? —Abaixo na praia, cos nenos. —Prometín emprestarlle o Goncourt. Non esquezas baixalo cando marches; está aí, no andel, enriba da mesiña. Chacachacachá, ¡zas! –durante os vindeiros cinco ou oito minutos. —¿A
onde vai Victor no rockaway? —¿O
rockaway?, ¿Victor? —Si, aí, de fronte. Parece que se está a preparar para ir a algures. —Chámao. Chacachacachá, chachachá. Robert asubiou de xeito penetrante; ata no peirao poderían escoitalo do agudo que resultou o asubío. —Non mirará cara a arriba. Madame Lebrun correu a fiestra e chamou a Victor. Axitou un pano e volveu chamar. "¡Victor!" O mozo, que estaba abaixo, entrou no vehículo e puxo o cabalo ó galope. Madame Lebrun volveu á máquina, ruborizada coa rabia. Victor era o fillo menor, un tête montée[18], cun carácter que invitaba á violencia, e unha vontade de ferro. —Un día destes doulle unha malleira, a ver se lle vén o pouco sentidiño que ten na cabeza. —¡Se alomenos vivise o teu pai! –Chacachacachá, chacachacachá, ¡zas! Madame Lebrun tiña a idea fixa de que a conducta do universo, en tódolos seus detalles, terá sido máis intelixente e elevada se Monsieur Lebrun non fose transportado a outras esferas nos primeiros anos de matrimonio. —¿Que sabes de Montel? –Montel era un cabaleiro de mediana idade. A súa va ambición e desexo durante os últimos vinte anos fora enche-lo baleiro que a desaparición de Monsieur Lebrun deixara no fogar dos Lebrun. ¡Chacachacachá, chacachacachá, zas, chacachacachá! —Teño unha carta súa por aí –dixo, mentres miraba no caixón da máquina e a atopaba no fondo do costureiro–. Di que che comunique que estará en Veracruz a principios do vindeiro mes. –Chacachacachá, chacachacachá, ¡zas! —¿Por que non mo dixeches antes, nai? Ben sabes que quería.... –Chacachacachá, chacachá. —¿Viches á señora Pontellier de volta cos nenos? Chegará, outra vez, tarde ó almorzo. Sempre agarda ata o último minuto. –¡Chacachacachá, chacachacachá!– ¿A onde vas? –¿Onde me dixeches que estaba o Goncourt?
IX Tódalas luces do vestíbulo brillaban; as lámpadas ardían todo canto podían, pero sen chegar ó punto de afuma-lo tubo nin ameazar coa explosión. As lámpadas estaban colocadas a cada pouco na parede, rodeando todo o cuarto. Alguén xuntara pólas de laranxeira e limoeiro e as puxera entre elas facendo graciosas e elegantes grilandas. O verde escuro das pólas destacaba e brillaba contra as cortinas de muselina branca que pendían das fiestras acolchándose, flotando e axitándose segundo o caprichoso desexo da forte brisa que sopraba dende o Golfo. Era sábado pola noite, poucas semanas despois da conversa íntima entre Robert e Madame Ratignolle, cando regresaban da praia. Había unha cantidade pouco habitual de maridos, pais e amigos que acudiran a pasa-lo domingo. As súas familias agasallábanos cumpridamente, coa axuda material de Madame Lebrun. As mesas do comedor trasladáranse a un extremo do vestíbulo, e as cadeiras ordenáranse en fileiras e por grupos. Cada pequeno núcleo familiar achegara a súa opinión e intercambiara contos domésticos ás primeiras horas da tarde. Agora había unha aparente disposición á calma, a amplía-lo círculo das confidencias e dar á conversa un ton máis xeral. A moitos dos nenos permitíranlles quedar ergueitos ata máis tarde da súa hora habitual de se deitaren. Un pequeno grupo deles, tombados boca abaixo no chan, miraban as páxinas en cor das bandas deseñadas que o señor Pontellier trouxera. Os pequenos Pontellier emprestáranllas, deixando senti-la súa autoridade. Música, baile, un ou dous recitados, eran os entretementos nos que consistía, ou máis ben ofertaba a festa. Pero non había nada sistemático no programa, nin asomo de preparación previa, nin tan sequera de premeditación. Nas primeiras horas da tarde, convenceron ás xemelgas Farival para que tocasen o piano. Tiñan catorce anos, e sempre ían vestidas de azul e branco, as cores da Santísima Virxe, á que foran encomendadas na pía bautismal. Tocaron un dúo de Zampa e, aceptando a petición formal dos presentes, continuaron coa obertura de O poeta e o labrego. —Allez-vous en! Sapristi! [19]–berrou o papagaio dende o outro lado da porta. Era o único ser dos presentes que tiña sinceridade abondo para admitir que non era a primeira vez daquel verán que escoitaba a amable interpretación. O vello Monsieur Farival, avó das xemelgas, indignouse pola interrupción, e insistiu en traslada-lo paxaro e confinalo nas tebras. Victor Lebrun opúxose, e as súas disposicións eran tan inamovibles coma as do destino. Por sorte, o papagaio non volveu interrompe-la diversión, unha vez que todo o veleno da súa natureza, ó parecer alimentado polas xemelgas, foi lanzado contra elas nun impetuoso exabrupto. Un pouco máis tarde, dous irmáns, unha rapaza e mais un rapaz, ofreceron un recitado que os presentes xa escoitaran varias veces durante aquel inverno nas reunións cidadás. Unha rapaciña danzou despois, no centro da estancia. A nai acompañábaa co piano, sen deixar de mirala, enfeitizada e con nervioso receo. Mais non tiña nada que temer, xa que a pequecha dominaba a situación. Ía vestida como merecía o evento: tule negro e mallas de seda negra. Levaba ó descuberto o pequeno pescozo e os brazos; e o pelo, artificialmente ondulado, sobresaíalle na cabeza coma unha negra penuxe esponxosa. As posturas eran todo elegancia, e os zapatiños de punteira negra, movíanse con tal rapidez e prema, disparándose ós lados e arriba, que un quedaba perplexo. Non había ningunha razón para que os outros non bailasen. Madame Ratignolle non o podía facer, de xeito que se ofreceu de bo grado a tocar para o resto. Interpretaba moi ben, mantendo un excelente tempo de valse e imprimíndolle ós compases unha elocuencia realmente inspirada. Segundo ela, seguía practicando o piano polos nenos, pois tanto ela coma o seu home consideraban que era un xeito de animar e face-lo fogar atractivo Case todos bailaban, excepto as xemelgas, ás que non se puido convencer de que se separasen durante o breve espacio no que unha ou a outra habían estar bailando a peza nos brazos dun home. Puideran bailar xuntas pero non se lles ocorrera. Enviaron os nenos á cama. Algúns obedeceron submisamente, outros berraban e protestaban mentres os arrastraban á forza. Xa se lles permitira estaren erguidos ata despois do xeado, que, naturalmente, marcaba o límite da indulxencia humana. Serviuse o xeado co pastel, bañado de crema dourada e prateada, dispostos en cortes alternativos sobre as fontes. Foran dúas mulleres negras, baixo a supervisión de Victor as que o prepararan e conxelaran pola tarde na parte traseira da cociña. Tivo un grande éxito, excelente se tivese un pouquiño menos de vainilla e un chisco máis de azucre; se fose que se conxelara un pouco máis e non puxesen sal nalgúns anacos. Victor estaba orgulloso da súa obra, e ía dun lado ó outro recomendándoo, e incitando a todos a comer. Despois de bailar dúas veces co seu home, unha con Robert e outra con Monsieur Ratignolle, que era alto e delgado e ,ó bailar, abaneabase o mesmo ca unha cana ó vento, a señora Pontellier saíu ó corredor e sentou no peitoril dunha fiestra baixa, dende a cal dominaba todo o que acontecía no salón e podía ve-lo Golfo. Chegaba un lene claro do leste. A lúa estaba saíndo, e seu misterioso escintileo lanzaba miles de luces sobre a auga recuada e inqueda. —¿Gustaríalle que tocase Mademoiselle Reisz? –preguntou preto dela Robert, que saíra ó soportal . De seguro que a Edna lle gustaría escoitala, pero coidaba que sería inútil rogarllo. —Voullo pedir –dixo el–. Voulle dicir que vostede quere escoitala. Tenlle simpatía e virá. Deu media volta e saíu a toda présa cara a unha das casas afastadas, na que estaba Mademoiselle andando dun lado para outro. Sacaba unha cadeira do cuarto e volvía metela, mentres se queixaba, de cando en vez, dos choros dun rapaz, ó que a súa ama de cría, na casa adxacente, trataba de adormecer. Era unha muller miúda e desagradable, en idade madura, que pelexara con case todos, debido ó seu temperamento enérxico e certa predisposición a pisa-los dereitos alleos. Non obstante, Robert logrou convencela sen moitas dificultades. Mademoiselle Reisz penetrou no salón durante o intermedio do baile. Fixo unha pequena reverencia, torpe e arrogante, ó entrar. Era unha muller sinxela, coa cara e o corpo mirrados e os ollos resplandecentes. Non tiña gusto no vestir, e levaba atado a un lado do pelo un lazo de encaixe negro antigo con violetas artificiais. —Pregúntelle á señora Pontellier qué lle gustaría que tocase –díxolle a Robert. Sentou completamente ríxida ante o piano, sen lle tocar ó teclado, mentres que Robert transmitía a mensaxe a Edna, que seguía na fiestra. Unha atmosfera de sorpresa e de auténtica satisfacción invadiu ós presentes ó ver entra-la pianista. Todos se acomodaron; un aire de expectación reinaba na atmosfera. Edna sentíase un pouco violenta polo deferimento que a imperiosa mulleriña tivera con ela. Non se atreveu a escoller, e rogoulle a Mademoiselle Reisz que fixese, ela mesma, a selección. Edna era, como dicía ela, unha entusiasta da música. A música ben interpretada tiña o poder de evocar imaxes na súa mente. Ás veces gustáballe sentar no salón polas mañás, cando Madame Ratignolle tocaba ou practicaba. Edna déralle o título de Solitude a unha das pezas que a dama tocaba. Era unha melodía en tono menor, curta e melancólica, e tiña outro nome, pero ela chamáballe Solitude. Ó escoitala, presentábase no seu maxín a figura dun home de pé a carón dunha roca desolada, na costa. Estaba espido e ollaba, con actitude resignada e sen esperanza, un paxaro que voaba na distancia, afastándose del. Outras pezas traíanlle á mente unha moza delicada, vestida con traxe de imperio, que descendía con miúdos pasos de baile unha longa rúa cinguida de altas sebes. Outras facíanlle pensar en nenos xogando. E, finalmente había unha que non lle lembraba nada terreal, de non ser unha dama agarimando un gato con ademán grave. Ós primeiros acordes que Mademoiselle Reisz extraeu do piano, un intenso arrepío percorreu a espiña dorsal da señora Pontellier. Non era a primeira vez que escoitaba tocar a unha artista, pero acaso a primeira vez na que o seu espírito estaba disposto a deixarse impresionar pola verdade irrevogable. Esperou que as escenas reais nas que adoitaba pensar se lle acumulasen e resplandecesen no seu maxín. Pero esperou en van. Non viu imaxes de soidade e esperanza, morriña ou desesperación, senón auténticas paixóns erguéndose no seu espírito, axitándoo e baténdoo, coma as ondas, ó escachar cada día contra o seu espléndido corpo. Tremía, afogaba, as bágoas cegábana. Mademoiselle rematara. Ergueuse e, coa súa ríxida e altiva reverencia, saíu sen deterse a recibi-las gracias e as palmas. Ó pasar polo corredor deulle a Edna unhas palmadiñas no ombreiro. —Entón, ¿gustoulle a miña música? –preguntou. A moza, incapaz de responder, apertou convulsivamente a man da pianista. Mademoiselle Reisz percibiu a axitación e mesmo as bágoas. De novo, deulle unhas palmadiñas no ombreiro, mentres dicía: —É vostede a única para quen paga a pena tocar. ¿Esoutros? ¡Bah! –e marchou arrastrando os pés e baixando sixilosamente polo corredor cara ó seu cuarto. Nembargantes, enganábase con respecto a "esoutros" xa que a súa actuación levantara unha febre de afervoamento. ¡Que paixón! ¡Que artista! ¡Xa sempre dixen que ninguén pode interpretar a Chopin coma Mademoiselle Reisz! ¡E o último preludio! ¡Meu Deus! ¡Mesmo se escoita no ceo! Facíase tarde, e percibíase unha disposición xeral á desbandada. Pero alguén, acaso Robert, suxeriu un baño naquela hora misteriosa, baixo a mística lúa.
X Con toda certeza foi Robert quen o propuxo, e ninguén se negou. Non houbo ninguén que non estivese disposto a seguilo cando empezou a marcha. Non ía á cabeza pero dirixía a ruta. Mesmo lacazaneaba detrás, xunto os namorados, que amosaban certa disposición a demorarse e manterse á parte. Camiñaba entre eles, sen el mesmo saber se o facía por malicia ou por argallar algo. Os Pontellier e mailos Ratignolle ían por diante, e as mulleres collíanse dos brazos dos seus homes. Edna sentía a voz de Robert tras deles, e ocasionalmente lograba escoita-lo que dicía. Preguntábase por qué non se unía a eles. Non era moi de seu. Por veces, recentemente, mantíñase afastado dela durante un día enteiro, redobrando a súa atención nos días seguintes, coma se quixese recupera-lo tempo perdido. Ela botábao en falta cando algún pretexto servía para retelo lonxe; do mesmo xeito que un bota en falta o sol nun día de néboa, sen se decatar, ata que o sol está resplandecendo. A xente ía en grupiños cara á praia. Charlaban, rían, e algúns cantaban. Unha banda tocaba no hotel de Klein, e a melodía chegaba debilmente ata eles, mitigada pola distancia. No exterior había descoñecidos e raros recendos; unha maraña de cheiro a mar, algas e humidade de terra recén arada, mesturada co penetrante perfume dun campo cheo de gromos brancos que había nos arredores. A noite pousábase imperceptiblemente sobre o mar e a terra; nembargantes, a escuridade non era unha carga, e non había sombras. A luz branca da lúa descendera sobre o mundo coma o misterio e a dozura do sono. Os máis deles metéronse na auga coma se dun elemento natural se tratase. Agora o mar estaba calmo e inchaba con galbana en grandes ondas, fundíndose unhas coas outras sen chegaren a quebrar, ata acada-la beira en pequenas cimas de escuma serpeando ata atrás coma cobriñas brancas. Edna pasara todo o verán tentando aprender a nadar. Homes, mulleres, ata nenos, trataran de ensinarlle. Robert déralle clases case a diario, e estaba a piques de renderse ó ve-la inutilidade dos seus esforzos. Unha especie de temor incontrolable apoderábase dela na auga, se non tiña ó alcance unha man coñecida que puidese collela. Pero aquela noite era coma un neno que cambalea e dubida e agárrase e, de súpeto, consciente da súa forza, bota a andar só, por primeira vez, audaz e moi confiado. Berraría coa ledicia. E de feito xa o fixo, cando, por medio dunha ou dúas amplas brazadas, ergueu o corpo ata a superficie da auga. Invadiuna un sentimento de xúbilo, coma se á súa alma se lle outorgase algún poder de significante importancia. Continuou desafiante e temeraria, sobrevalorando a súa forza. Quería nadar lonxe, ata onde ningunha muller chegara antes. O seu inesperado logro era obxecto de abraio, loanza e admiración. Cada quen felicitábase a si mesmo polo éxito das ensinanzas para obter este desexado final. "¡Que doado é!", pensaba Edna. "¡Non custa nada!", dixo en voz alta. "¡Como non o descubriría antes! ¡E pensar no tempo que perdín batuxando coma un meniño!" Non se uniu ós xogos, nin á troula dos demais, senón que, ebria de novo polo poder conquistado, seguiu nadando soa. Torceu a cara mar adentro para capta-la impresión de espacio e soidade que lle transmitía á súa acalorada imaxinación a vasta extensión de auga, ó atoparse e fundirse co ceo iluminado pola lúa. Nadando, parecía que fose en busca de algo sen límites no que perderse. Nun intre deu volta para mirar á praia, á xente que deixara alí. Non se arredara demasiado; é dicir, non demasiado para un nadador con experiencia; mais para a súa inexperta visión, a franxa de auga que había tras dela adoptaba o aspecto dunha barreira que endexamais sería quen de salvar sen axuda. A súbita visión da morte bateu no seu espírito, e, por un intre, resultoulle arrepiante e fíxolle fraquea-los sentidos. Mais, logo dun esforzo, refixo as súas minguadas facultades e logrou chegar á terra. Non mencionou o encontro coa morte, nin a luzada do terror, excepto para comentarlle ó seu home: —Pensei que ía perecer aló soa. —Non estabas tan lonxe, querida. Eu estaba a vixiarte –contestoulle el. Edna dirixiuse de seguida á caseta do baño e, antes de que os outros saísen da auga, xa puxera a roupa seca e estaba presta para volver á casa. Botou a camiñar soa. Todos a chamaron a berros, pero ela fixo acenos coa man, rexeitando a chamada, e continuou sen lle prestar atención ás renovadas voces que buscaban detela. —Ás veces inclínome a pensar que a señora Pontellier é unha caprichosa –dixo Madame Lebrun, que estaba divertíndose a eito e receaba que a súbita marcha de Edna puxese fin á troula. —Ás veces si que o é, mais non sempre –afirmou o señor Pontellier. Edna inda non percorrera nin a cuarta parte da distancia que a afastaba da casa cando Robert a colleu. —¿Coida que pasei medo? –preguntoulle algo molesta. —Non, xa sei que non pasou medo. —Daquela, ¿por que veu?, ¿por que non ficou cos outros? —Non o pensei nin por un instante. —¿Que é o que non pensou? —Nada; pero ¿que máis ten? —Estou moi cansa –exclamou, laiándose. —Xa o sei. —Vostede non sabe nada do que me está a acontecer. ¿Por que ía sabelo? Nunca antes me sentira tan esgotada; pero non é desagradable. Centos de emocións percorréronme esta noite, e non chego a comprender nin a metade delas. Non me faga caso; estou a cavilar en voz alta. Pregúntome se algunha vez algo me volverá a conmover como me emocionou escoitar tocar a Mademoiselle Reisz esta noite. Pregúntome se algunha noite da miña vida volverá ser igual a esta. É coma unha noite de soño. As persoas que me rodean son como misteriosos seres semihumanos. Debe de haber espíritos ceibos esta noite. —Abofé que os hai –dixo Robert, en voz baixa–. ¿Non sabe que estamos a vinteoito de agosto? —¿A vinteoito de agosto? —Si; o vinteoito de agosto, a media noite, se a lúa escintila (é imprescindible que escintile), un espírito que vén vagando por estas praias dende hai séculos xorde do Golfo. Coa súa penetrante vista, busca un mortal que sexa digno de facerlle compañía, digno de ser elevado durante unhas horas ó reino do semicelestial. Ata o de agora, a súa busca resultou sempre infructuosa; e, desanimado, volvía mergullarse no mar. Pero esta noite atopou á señora Pontellier, e poida que nunca a deixe escapar por completo do feitizo. Quizabes ela nunca permita agora que un indigno e humilde mortal pasee á sombra da súa divina presencia. —Non faga risa de min –dixo Edna, ferida polo que xulgaba unha lixeireza por parte de Robert. A el non o molestou a súplica, pero aquel ton delicadamente patético era coma un reproche. Non podía explicarllo; non podía dicirlle que captara o seu estado de ánimo e o comprendera. Non lle dixo nada; limitouse ofrecerlle o brazo, porque, tal e como ela recoñecera, estaba esgotada. Camiñara soa, cos brazos colgando inertes e arrastrando a saia branca pola congostra cuberta de rosada. Edna aceptou o brazo, pero non se apoiou nel. Deixou colga-la man con indiferencia, coma se os seus pensamentos estivesen noutro lugar, nalgún punto por diante do seu corpo, e ela estivese esforzándose por darlles alcance. Robert axudouna a tombarse na hamaca que estaba pendurada xunto á porta da vivenda, dende a columna ata o tronco dunha árbore. —¿Vai esperar ó señor Pontellier aquí fóra? —Si, vou ficar aquí. Boas noites. —¿Quere que lle traia unha almofada? —Hai unha por aquí –dixo, tenteando ó seu redor ás apalpadas. —Debe de estar lixada; abofé que os nenos a deixaron tirada. —Non importa. E, descubrindo a almofada, colocouna detrás da cabeza. Espreguizouse na hamaca cun fondo suspiro de alivio. Non era unha muller arrogante, nin melindrosa, nin tampouco moi dada a tenderse na hamaca. Cando o facía, non suxería o voluptuoso repouso do gato, senón o descanso reparador que parecía invadir todo o seu corpo. —¿Podo quedar con vostede ata que chegue o señor Pontellier? –preguntou Robert, sentando no bordo dun chanzo e agarrando a corda coa que estaba a hamaca atada á columna. —Quede se quere, pero non arrandee a hamaca. ¿Pódeme trae-lo chal branco? Deixeino no peitoril da fiestra da casa. —¿Ten frío? —Non, pero tereino máis tarde. —¿Máis tarde? –riu–. ¿Sabe que hora é?, ¿canto tempo vai ficar aquí fóra? —Non o sei. ¿Quéreme trae-lo chal? —Dende logo que si –dixo, erguéndose. Cruzou o xardín para entrar na casa. Viu como a súa silueta, entraba e saía dos fíos da luz lunar. Pasaba da medianoite e reinaba o silencio. Cando volveu co chal ela colleuno pero non o puxo. —Dixo que podía quedar ata que chegase o señor Pontellier, ¿non si? –preguntou Robert. —Si, se lle apetece. Robert sentou outra vez e envolveu un un cigarro. Fumouno en silencio. Tampouco ela falou. Ningún remuíño de palabras tería sido máis expresivo que aqueles momentos de silencio, cargados cos primeiros latexos do desexo. Cando escoitou as voces dos bañistas achegándose, Robert deulle as boas noites. Ela non respondeu. Pensou que estaría durmida pero ela, unha vez máis, ollou como a súa silueta, a medida que se afastaba, entraba e saía dos fíos da luz lunar. XI —¿Que fas aí fóra, Edna? Crin que xa te atoparía deitada –díxolle o home, ó descubrila, tombada, alí. El estivera a pasear, mentres que acompañaba a Madame Lebrun ata a casa. Ela non lle respondeu. —¿Estás durmida? –preguntoulle, inclinándose para mirala. —Non. Os ollos, ó fita-los del, relucían intensos e brillantes, sen rastro de soño. —¿Sabes que pasa da unha? Veña –e subiu a escaleira para entrar no dormitorio. —Edna –berrou dende dentro o señor Pontellier, transcorridos uns instantes. —Non esperes por min –respondeu ela. O señor Pontellier asomou a cabeza pola porta. —Vas coller frío aí fóra –dixo, con irritación–. ¿Que tolemia che deu? ¿Por que non queres entrar? —Non vai frío, e ademais teño o chal. —Os mosquitos vante devorar. —Non hai mosquitos. Escoitouno dar voltas pola vivenda, evidenciando inquedanza e irritación en cada son que emitía. Noutro tempo, tería obedecido a súa petición. Teríase sometido ós seus rogos, pola rutina, sen un claro sentimento de submisión ou obediencia ós seus esixentes desexos; sen reflexionar, do mesmo xeito que andamos, nos movemos, nos sentamos ou nos poñemos de pé, xirando na nora da vida que nos tocou en sorte. —Edna, querida, ¿entrarás axiña? –preguntoulle de novo, esta vez cun agarimoso ton de súplica. —Non; vou ficar aquí fóra. —Esto xa pasa de bobada –estalou el–. Non podo permitir que fiques aí toda a noite. Debes de entrar na casa de contado. Edna, cun movemento de torsión, instalouse máis firmemente na hamaca. Decatábase de que a vontade se lle disparara, obstinada e resistente. Naquel intre, o único que podía facer era negarse e resistir. Pregúntabase a si mesma se algunha vez antes o seu home lle falara así, e se ela se sometera ás súas ordes. Abofé que se sometera; lembrábase de facelo. Pero, tal como se sentía naqueles intres non podía comprender cómo ou por qué se rendera. —Léonce, vaite deitar –dixo Edna–. Quero ficar aquí; non desexo entrar e non teño ningunha intención de facelo. E non me volvas falar dese xeito; non che contestarei. O señor Pontellier xa se preparara para deitar pero botou axiña algo por riba. Abriu unha botella de viño, do que gardaba unha pequena e selecta reserva no aparador, e bebeu un vaso. Saíu ó soportal e ofreceulle outro á súa dona. Como a Edna non lle apetecía, Léonce achegou o mexedor, ergueu os pés, enfundados nas zapatillas sobre a varanda, e dispúxose a fumar un xaruto. Fumou dous; despois entrou e tomou outro vaso de viño. A señora Pontellier rexeitou outra vez o vaso cando llo ofreceu. El sentou outra vez cos pés en alto e, transcorrido un tempo razoable, volveu botar algún outro xaruto. Edna comezaba a sentirse coma se estivese a espertar pouco a pouco dun soño delicioso, grotesco e imposible, coma se a realidade premese de novo a súa alma. A necesidade física de durmir comezou a sorprendela. A exaltación que sostivera e alporizara o seu espírito deixouna esvaecida, e rendeuse ás condicións que se amoreaban no seu interior. Chegara a hora máis silenciosa da noite; a hora que precede ó amencer, cando o mundo parece conte-la respiración. A lúa, que mudara do prateado ó cobreado, pendía próxima no ceo adormecido. A vella curuxa xa non aturuxaba, e os carballos de auga deixaran de laiar mentres dobraban as cabezas. Edna ergueuse engabuñada de botar tanto tempo tombada e quieta na hamaca. Subiu os chanzos acaneándose e agarrouse debilmente á columna antes de pasar ó interior da vivenda. —¿Vas entrar, Léonce? –preguntou, volvendo a cabeza cara ó seu home. —Si, querida –contestou el, seguindo coa vista unha bafarada de fume–. En canto acabe co xaruto.
XII Durmiu unhas poucas horas, inquedas e febrís, perturbada por soños intanxibles que fuxían, deixándolle os sentidos semidurmidos coa impresión de algo inatinxible. Ergueuse e vestiuse co frescor das primeiras horas da mañá. O aire resultou tonificante e serenoulle algo os sentidos. Nembargantes, non buscaba alivio nin axuda de ningunha clase, nin fóra, nin dentro dela. Seguía cegamente calquera pulo, coma se puxese o rumbo en mans estrañas, liberando deste xeito o seu espírito de toda responsabilidade. Era tan cedo que a maioría da xente inda estaba a durmir. Só uns poucos, coa intención de escoitar misa en Chênière, estaban erguidos. Os namorados, que fixeran os seus planos a noite anterior, xa camiñaban cara ó peirao. A dama de negro, co seu misal de veludo e ferraxes de ouro, e o rosario de prata dos domingos, seguíaos a pouca distancia. O vello Monsieur Farival estaba xa erguido e case presto a facer calquera cousa que se lle ocorrese. Puxo un gran sombreiro de palla e, collendo o paraugas do percheiro do vestíbulo, seguiu á dama de negro, sen chegar a alcanzala. A rapaciña negra que lle axudaba coa máquina de coser a Madame Lebrun estaba a varre-los corredores con longos vasoirazos, absorta nos seus pensamentos. Edna mandoulle subir á casa e espertar a Robert. —Dille que vou a Chênière. O bote está preparado. Que bula. Robert xuntouse de contado con ela. Anteriormente, nunca o mandara chamar; nunca preguntara por el. Endexamais dera a impresión de necesitalo. Non semellaba ser consciente de que, ó esixi-la súa presencia, fixera algo desacostumado. Aparentemente, el tampouco era consciente de nada estraño na situación. Con todo, un sereno resplandor cubríalle o rostro cando se atopou con ela. Dirixíronse xuntos á cociña para tomar café. Non quedaba tempo para delicadezas por parte do servicio. Detivéronse xunto á fiestra, no exterior, e a cociñeira serviu o café, que tomaron, acompañado dun bolo, no peitoril. Edna dixo que estaba bo, inda que, a dicir verdade, non tiña na mente nin o café nin nada en concreto. Robert díxolle que observara a miúdo a súa falla de previsión. —¿Non había abondo con pensar en ir a Chênière e espertalo? –dixo rindo–. ¿É que teño que estar pendente de todo, como di Léonce cando está de mal humor? Non o culpo, non estaría de mal humor se non fose por min. Colleron un atallo polos areais. A certa distancia podían olla-la curiosa procesión cara ó peirao; os namorados, ombro con ombro, movéndose paseniñamente; a dama de negro, gañándolles terreo ós poucos; o vello Monsieur Farival, demorándose por polgadas; e unha moza española, descalza, cun pano vermello na cabeza e unha cesta ó brazo, pechando a comitiva. Robert coñecía á moza, e unha vez no bote, falou un pouco con ela. Ningún dos presentes entendía o que dicían. Chamábase Mariquita, e tiña a cara redonda, pícara e seductora, cuns fermosos ollos negros. Tiña as mans pequenas, e mantíñaas sobre a asa da cesta. Os pés eran anchos e bastos, pero non se molestaba en agachalos. Edna miroulle para os pés, reparando na area e o barro entre os dedos escuros. Beaudelet queixouse de que Mariquita estivese alí ocupando tanto sitio; pero na realidade estaba contrariado pola presencia do vello Monsieur Farival, que se consideraba mellor mariñeiro ca el. Como non podía pelexar cun vello coma el, facíao con Mariquita. En certo momento, a moza estivo despectiva, chamando a atención de Robert. De seguido púxose impertinente, movendo a cabeza arriba e abaixo, poñéndolle os ollos tenros a Robert, e torcéndolle o fociño a Beaudelet. Os namorados estaban sós. Non vían nin escoitaban nada. A dama de negro rezaba o rosario por terceira vez. O vello Monsieur Farival falaba sen pausa da súa habilidade no manexo do bote e do que Beaudelet ignoraba sobre ese mesmo tema. A Edna gustáballe todo aquelo. Miraba a Mariquita unha e outra vez, de arriba a abaixo, dende os horribles pés morenos ata os preciosos ollos negros. —¿Por que me mira así? –preguntoulle a moza a Robert. —Poida que lle parezas bonita. ¿Queres que llo pregunte? —Non. ¿É a túa amante? —É unha muller casada e ten dous fillos. —¡Ai si! Tamén San Francisco escapou coa muller de Silvano, que tiña catro fillos. Levaron tódolos cartos e a un dos rapaces; e roubáronlle a barca. —Cala. —¿Entende o que estamos a falar? —¡Cala xa! —¿Están casados eses dous de aí, os que se recostan un por riba do outro? —Por suposto que non –contestou Robert, rindo. —Por suposto que non –repetiu Mariquita, imitándoo con voz grave e ratificando coa cabeza. O sol estaba alto e empezaba a picar. A Edna parecíalle que a súbita brisa esmorecía o seu aguillón nos poros da súa cara e das súas mans. Robert tiña o parasol enriba dela. Ó avanzaren, cortando a auga oblicuamente, as velas inchaban tensas, rebordantes, cheas de vento. O vello Monsieur Farival riu con escarnio de algo, ó mira-las velas, e Beaudelet latricaba en voz baixa contra o vello. Navegando pola baía cara a Chênière Caminada, Edna sentiuse coma se estivese desatracando nun ancoradoiro no que estivera atracada, e as súas cadeas empezasen a afrouxar... e crebasen a noite anterior, cando o misterioso espírito se fixera patente e a deixara en liberdade para que fose empurrada a calquera lugar ó que orientase as súas velas. Robert faláballe sen parar; deixara de prestarlle atención a Mariquita. A moza levaba camaróns na súa cesta de bambú, cubertos de lique. Sacudía o lique con inquedanza, e fungaba anoxada. —¿Imos a Grande Terre mañá? –dixo Robert en voz baixa. —¿E que imos facer aló? —Escála-la pena ata o vello forte; ollar como serpean as cobriñas douradas, e mira-los lagartos ó sol. Edna dirixiu a mirada cara á Grande Terre e pensou que lle gustaría estar alí, a soas con Robert, ó sol, escoitando o ruxir do océano e ollando o arrandeo dos pegañentos lagartos ó asomarse e agocharse polas ruínas do vello forte. —Ó día seguinte, ou ó outro, podemos navegar ata Bayou Brulow –continuou dicindo. —¿E que imos facer aló? —Nada, bota-lo anzol para pescar. —Non; volveremos a Grande Terre. Deixaremos ós peixes en paz. —Onde vostede queira –dixo el–. Farei que veña Tonie e que me axude a reparar e acondiciona-la barca. Non necesitamos nin de Beaudelet, nin de ninguén. ¿Ten medo ir en piragua? —¡Oh, non! —Daquela, unha noite, cando resplandeza a lúa, levareina na piragua. Poida que o espírito do Golfo lle murmure en qué illa están agachados os tesouros; ata pode ser que a guíe ata o mesmo lugar onde se atopan. —¡Farémonos ricos dun día para outro! –dixo Edna–. Dareillo todo: o ouro pirata e ata a derradeira porción do tesouro que desenterremos. Coido que vostede saberá como gastalo. O ouro pirata non está feito para ser gardado, nin para darlle un fin útil, se non para malgastalo e botarllo a quen o queira, polo só pracer de contemplar como voan as partículas douradas. —Compartirémolo e dilapidarémolo xuntos –dixo Robert, arroibado. Subiron todos xuntos ata a pequena e pintoresca igrexa gótica Da Nosa Señora de Lourdes. A súa pintura marrón e amarela lanzaba lampos co fulgor do sol. Só Beaudelet ficou atrás, enredado co bote. Mariquita marchou coa cesta de camaróns, mirando para Robert de esguello cunha mirada infantil de reproche e anoxo.
XIII Unha sensación de opresión e somnolencia invadiu a Edna durante a misa. Empezoulle a doe-la cabeza, e a notar como as luces do altar oscilaban ante os seus ollos. Noutra ocasión tería feito un esforzo por recobra-la compostura, pero o seu único pensamento era abandona-la sufocante atmosfera da igrexa e saír ó aire libre. Ó erguerse, pisou a Robert e saíu murmurando unha desculpa. O vello Monsieur Farival axitouse curioso e púxose de pé, pero, ó ver que Robert seguía á señora Pontellier, volveuse afundir no asento. Farfallou unha ansiosa pregunta á dama de negro, que, en vez de prestar atención ó contestar, mantivo os ollos espetados nas páxinas do seu misal de veludo. —Síntome mareada e a piques de esvaecer –dixo Edna, botando instintivamente a man na cabeza e retirando o sombreiro de palla–. Non sería quen de aguantar todo o servicio. Estaban fóra, á sombra da igrexa, e Robert colmábaa de atencións. —En primeiro lugar, foi unha insensatez entrar, e inda maior sería quedar. Imos á casa de Madame Antoine; alí poderá descansar. Colleuna do brazo e conduciuna fóra daquel lugar, mirándoa constantemente con cara de preocupación. ¡Que tranquilo estaba todo! Non se escoitaba máis que a voz do mar, murmurando entre as canas que medraban nas pozas de auga salgada. A extensa ringleira de casiñas grises, deterioradas pola intemperie, aniñaba paz entre as laranxeiras. Edna pensou que sempre debera de ser domingo naquela illa angosta e somnolenta. Detivéronse para pedir auga, recostándose nunha cerca dentada, feita de desfeitos mariños. Unha moza acadiense de rostro apracible estaba a sacar auga dunha cisterna, que consistía nunha simple bulla ferrosa aberta por un lado e afundida na terra. A auga que a moza lles ofreceu nun balde de folla de lata non estaba fría para beber, pero serviu para refresca-lo seu acalorado rostro e reanimala. A casiña de Madame Antoine estaba no confín do poboado. Déulle-la benvida facendo gala dunha hospitalidade completamente natural, o mesmo que abriría a porta para deixar que entrase a luz do sol. Estaba gorda, e camiñaba con traballo e torpeza. Non sabía falar inglés; pero, cando Robert lle fixo entender que a señora que o acompañaba estaba enferma e quería descansar, afanouse por lograr que Edna se sentise a gusto e por acomodala confortablemente. Cada recuncho daquel lugar estaba inmaculadamente limpo, e a gran cama de columnas, branca coma a neve, invitaba ó repouso. Estaba colocada nunha pequena peza lateral, que daba a unha estreita parcela de herba, xunto ó cuberto, onde unha barca fóra de combate, xacía coa quilla cara a arriba. Madame Antoine non fora á misa pero o seu fillo Tonie si. Ela supuña que había volver axiña, así que invitou a Robert a que sentase a agardalo. Robert saíu e sentou fóra a fumar. Madame Antoine atarefábase no gran cuarto dianteiro, preparando a cea. Estaba a cociñar salmonetes sobre unhas poucas brasas vermellas na enorme cheminea. Unha vez soa na pequena peza contigua, Edna afrouxou a roupa e espiuse case enteiramente. Lavou a cara, o pescozo e mailos brazos na almofía situada entre as fiestras. Quitou os zapatos e as medias e estirouse no mesmo centro da gran cama branca. ¡Que sensual era descansar así, nunha cama allea e exótica, co doce cheiro campesiño a loureiro que impregnaba as sabas e o colchón! Ó estira-los fortes membros, sentiu unha lixeira dor. Por uns instantes, percorreu cos dedos a súa melena solta. Contemplou os seus brazos redondos mentres os sostiña estirados cara arriba e os fregaba alternativamente, observándoos de cerca, coma se vise por primeira vez a suave e firme calidade e textura da súa carne feble. Agarrou as mans suavemente por riba da cabeza e así quedou durmida Ó principio durmiu lixeiramente, medio esperta, e preguizosamente atenta ó que acontecía ó seu redor. Escoitaba o pesado ranquear dos pasos de Madame Antoine ó camiñar dun lado para outro polo chan de area. Unhas cantas pitas cacarexaban ó outro lado das fiestras, escaravellando na herba na procura de areas. Despois, escoitou as medias voces de Robert e de Tonie falando baixo o cuberto. Non se moveu. Incluso as pálpebras lle descansaban, entumecidas e pesadas, sobre os ollos amodorrados. As voces continuaron; lene a de Tonie, coa parsimonia dos acadienses; nun francés rápido, suave e fluído a de Robert. Edna entendía o francés con dificultade, se non se dirixían a ela, e as voces eran só parte doutros sons, vagos e amortecidos, que lle arrolaban os sentidos. Cando espertou, tivo a sensación de que durmira moito e profundamente. As voces calaran baixo o cuberto. Os pasos de Madame Antoine xa non se escoitaban na peza contigua. Mesmo as pitas marcharan a outra parte a cacarexar e furgar. O mosquiteiro estaba corrido por riba dela; mentres durmía, entrara a vella e baixárao. Edna ergueuse a modiño da cama, e ó axexar por entre as cortinas da fiestra, puido ver, polo oblicuo dos raios de sol, que xa estaban metidos no serán. Robert estaba fóra, baixo o cuberto, á sombra, recostado contra a quilla inclinada do bote boca abaixo. Estaba a ler un libro, e Tonie xa marchara. Pregúntabase qué sería do resto do grupo. Mirou ás agachadas unha ou dúas veces, mentres, de pé, se lavaba na pequena almofía que había entre as fiestras. Madame Antoine deixara na cadeira unhas toallas limpas e ásperas; e deixáralle ó alcance da man unha caixiña de poudre de riz[20]. Edna empoou o nariz e as meixelas, mentres se miraba de cerca nun espelliño, que, pendido na parede sobre a almofía, torcía a súa imaxe. Os ollos escintilábanlle enteiramente abertos e o seu rostro coriscaba. Cando rematou co aseo, camiñou ata ó cuarto do lado. Adoecía coa fame e alí non había ninguén. Nembargantes, enriba dunha mesa con mantel, que estaba contra a parede, había un cuberto cun boliño escuro e crocante e unha botella de viño ó seu carón. Edna deulle unha mordida ó boliño, partíndoo cos seus fortes dentes brancos. Verteu un pouco de viño no vaso e bebeuno dun golpe. Despois saíu con sixilo ó exterior e, collendo unha laranxa dunha póla baixa, tiroulla a Robert, que descoñecía que ela estivese esperta e erguida. Ó vela, iluminóuselle a cara e foise xuntar con ela baixo a laranxeira. —¿Cantos anos botei durmindo? –preguntou Edna–. A illa non parece a mesma. Debeu de xurdir unha nova raza de seres, deixándonos a vostede e mais a min como reliquias do pasado. ¿Cantos anos hai que morreron Madame Antoine e Tonie? ¿Cando foi que desapareceron da terra os nosos amigos de Grand Isle? Robert amañoulle con naturalidade un pregue no ombreiro. —Para ser exactos, durmiu cen anos. A min permitíronme ficar aquí para velar polo seu repouso; e durante cen anos permanecín fóra, baixo o cuberto, lendo un libro. A única desgracia que non puiden evitar foi que se pasase unha ave que puxen a asar. —Inda que se volvese de pedra, habíaa comer –dixo Edna, entrando con el na casa–. Agora en serio, ¿que lles aconteceu a Monsieur Farival e os demais? —Marcharon hai dúas horas. Cando souberon que estaba a durmir, decidiron que era mellor non espertala. De tódolos xeitos, non llelo consentiría. ¿Para que, se non, estaba eu aquí? —Pregúntome eu se Léonce estará tranquilo –reflexionou sentando á mesa. —Abofé que non. Sabe que está comigo –contestou Robert, mentres coidaba das cazolas e tapaba os pratos que deixaran sobre o fogón. —¿Onde están Madame Antoine e mailo seu fillo? –preguntou Edna. —Foron ó oficio de vésperas e a visitar, coido eu, uns amigos. Son eu o encargado de levala á casa na barca de Tonie cando estea presta para marchar. Robert remexeu as brasas ata que a ave asada comezou a faiscar de novo. Serviulle a Edna comida a eito, colou o café e compartiuno con ela. Madame Antoine guisara pouco máis cós salmonetes, pero, mentres que Edna durmía, Robert saqueara a illa. Estaba satisfeito coma un neno, unha vez que descubriu e comprobou o apetito e o deleite co que Edna xantaba os manxares que el lle proporcionara. —¿Ímonos xa? –preguntou ela, despois de apura-lo vaso, e recolle-las migallas do boliño crocante. —O sol non está tan baixo como o ha de estar nun par de horas –contestou el. —Entón xa terá desaparecido. —Pois que desapareza. ¡A quen lle importa! Agardaron ben tempo baixo as laranxeiras, ata que Madame Antoine volveu arquexante e trecoleando, á vez que ofrecía mil escusas para xustifica-la súa ausencia. Tonie non se atrevera a volver. Era tímido e, por iniciativa propia, non miraba a ningunha muller, a non se-la súa nai. Era moi agradable permanecer alí, baixo as árbores, mentres que o sol ía pouco a pouco afundíndose polo oeste e pintando o ceo de flamante cobre e ouro. As sombras alongábanse e reptaban pola herba coma furtivos e grotescos monstros. Edna e Robert sentaron no chan; el tombouse no chan a carón dela, enredando de cando en vez co bordo do seu vestido de muselina. Madame Antoine acomodou o seu groso corpo, ancho e achaparrado, nun banco que había cabo da porta. Pasara a tarde a falar, animándose a contar historias. ¡Vaites coas historias que lles contou! Só saíra dúas veces na súa vida de Chênière Caminada, e cando o fixo foi por unha curtísima tempada. Pasara anos a percorre-la illa de cabo a rabo, recollendo as lendas das baratarias e do mar. Chegou a noite, coa lúa para alumala. Edna escoitaba o suspirar dos mortos e o amortecido tintín do ouro. Cando ela e Robert subiron ó bote de Tonie, coa vermella vela latina, había formas pantasmagóricas e neboentas que axexaban polas sombras e por entre os canavais, e, na superficie da auga, había barcos pantasmas, que bulindo, poñíanse ó abeiro.
XIV Etienne, o máis noviño dos rapaces fora moi traveso, dixo Madame Ratignolle, poñéndoo nas mans da súa nai. Puxera atrancos á hora de deitarse e armara unha boa, polo que ela mesma tivo que facerse cargo del e pacificalo o mellor que puido. Xa había dúas horas dende que Raoul se deitara e adormecera. O máis pequeno levaba un camisón branco longo, que se lle ía enguedellando nos pés á medida que Madame Ratignolle o levaba da man. Coa outra man regordecha, fregaba os ollos, cargados co sono e co mal humor. Edna colleuno nos brazos, e, sentando no mexedor, fíxolle carantoñas e caricias, dicíndolle toda clase de tenruras e agarimándoo para que adormecese. Non eran máis das nove. Inda ninguén, salvo os nenos, se deitara. Ó principio, Léonce amosárase bastante inquedo e quixera marchar de contado para Chêrnière, dixo Madame Ratignolle. Pero Monsieur Farival aseguroulle que a súa muller o único que tiña era que estaba esvaecida co sono e coa fatiga e que Tonie a traería de volta sa e salva máis tarde. Deste xeito disuadírono de cruza-la baía. Foi ó hotel de Klein, na busca dalgún tratante de algodón co que tiña que falar sobre accións, bonos, cambios, ou algo así do que Madame Ratignolle non se acordaba. Dixo que que non estaría ata tarde. Ela estaba sufocada coa calor e a opresión, dixo. Levaba un frasco de sales e un amplo abano. Lamentaba non poder quedar con Edna, xa que Monsieur Ratignolle estaba só, e non había cousa que máis detestase. Cando Etienne quedou durmido, Edna levouno ó cuarto de atrás, e Robert foi levanta-lo mosquiteiro para que ela puidese deita-lo neno comodamente na súa cama. A mulata esfumárase. Cando saíron da casa Robert deulle as boas noites a Edna. —¿Sabe que pasamos todo o santo día xuntos, dende esta mañá cedo? –dixo Edna cando partía. —Todo, quitando os cen anos que pasou a durmir. Boas noites. Robert apertoulle a man e foise en dirección á praia. Non se xuntou cos demais senón que paseou só cara ó Golfo. Edna quedou fóra, agardando que o seu home chegara. Non desexaba durmir, nin recollerse, tampouco lle apetecía ir sentar cos Ratignolle, nin xuntarse a Madame Lebrun e o grupo que parolaba diante da casa, chegando ata ela as súas voces animadas. Deixou que a mente vagase pola súa estancia en Grand Isle, e intentou precisar de qué xeito este verán fora diferente de todos e cada un dos outros veráns da súa vida. Só se era consciente de que ela, o seu actual eu, era, en certa medida, diferente do seu eu anterior. Inda non sospeitaba que era ela a que, mirando con outros ollos, estaba aceptando dentro de si mesma novas circunstancias que enriquecían e modificaban o seu arredor. Pregúntouse por qué Robert marchara e a deixara. Non se lle ocorreu pensar que estaría canso de estar con ela todo o día. Ela non estaba cansa, e sabía que el tampouco. Lamentaba que marchase. O máis natural sería que ficase, cando ela non lle pedía en absoluto que a deixase. Entrementres, Edna esperaba polo seu home, cantaba en voz baixa unha canción curta que Robert cantaruxara ó cruza-la baía. Empezaba deste xeito "Ah! Si tu savais"[21] e remataba cada verso con "si tu savais". A voz de Robert non era pretensiosa, senón melódica e natural. A voz, as notas, e o refrán enteiro roldábanlle na memoria.
XV Cando un día, á tardiña, Edna entrou no comedor, con demora, coma adoito, pareceulle que se estaba a soster unha conversa máis animada do habitual. Un grupo de persoas estaban falando á vez, predominando a voz de Victor, mesmo por riba da de súa nai. Edna volvera tarde do baño, vestírase ás carreiras e tiña o rostro acalorado. A súa cabeza, realzada polo delicado vestido branco, lembraba un espléndido e exótico gromo. Ocupou o seu lugar na mesa, entre o vello Monsieur Farival e Madame Ratignolle. Tan logo como sentou, e case a piques de empezar a toma-la sopa, servida cando ela entrara na estancia, varias persoas informárona simultaneamente de que Robert marchaba para México. Deixou cae-la culler e mirou ó seu redor perplexa. Pasará con ela toda a mañá, léndolle, e non mencionará nada relacionado con México. Non o vira pola tarde e escoitara dicir que estaba arriba, na casa, coa nai. Non lle dera importancia, inda que a sorprendeu que non se xuntase con ela aló pola tarde, cando ela baixara á praia. Edna botoulle unha ollada; estaba sentado xunto a Madame Lebrun, que presidía a mesa. A cara de Edna era a viva imaxe do abraio, que en ningún intre pensou en disimular. El ergueu as cellas, pretextando un sorriso como resposta á súa mirada. Semellaba estar violento e incómodo. —¿Cando marcha? –preguntoulle Edna ó grupo en xeral, coma se Robert non estivese alí para contestar el mesmo. "Esta noite" "Á mesma tardiña" "O que hai que ver" "¿Que bicho lle picaría?" foron algunhas das respostas que recibiu, pronunciadas en francés e inglés ó mesmo tempo. —¡Imposible! –exclamou ela–. ¿Como pode un marchar de Grand Isle a México sen case avisar, coma se fose ó hotel de Klein, ou ó peirao, ou á praia? —Hai tempo que dixen que ía a México; xa o levo dicindo dende hai anos –berrou Robert, alporizado e nervioso, co aire dun home a defenderse dun enxame de abellas. Madame Lebrun petou na mesa co mango do coitelo. —Por favor, deixen que Robert nos conte por qué marcha, e por qué esta mesma noite –exclamou–. A verdade é que esta mesa aseméllaseme cada día máis a Bedlam, todo mundo falando ó mesmo tempo. Ás veces, espero que Deus me perdoe, desexaría que Victor perdese a fala. Victor riu sarcasticamente dándolle as gracias á nai polo ben intencionado desexo, do cal non lograba deducir beneficios para ninguén, agás para ela, que así tería máis oportunidades e liberdade para falar. Monsieur Farival pensaba que deberan ter levado a Victor a alta mar cando era pequeno e deixalo afogar. Victor, persoalmente, cría que semellante procedemento debía seguirse cos vellos que se cren no dereito consagrado de facérense universalmente odiosos. Madame Lebrun comezaba a pórse un pouco histérica, e Robert recriminou con mordaces palabras ó seu irmán. —Non hai moito que explicar, nai –dixo. Emporiso, explicou, (mirando a Edna principalmente), que só se podería atopar co cabaleiro ó que intentaba unirse en Veracruz, de tomar este ou aqueloutro vapor que partía de Nova Orleáns tal día; que Beaudelet saía coa lugre de verduras aquela noite, e iso dáballe a oportunidade de chegar á cidade e colle-lo seu barco a tempo. —¿Pero cando decidiches todo iso? –preguntou Monsieur Farival. —Esta tarde –respondeu Robert, con aire molesto. —¿Esta tarde a que hora? –insistiu o ancián cabaleiro, con firmeza obstinada, coma se estivese a interrogar un criminal nunha sala de xustiza. —Ás catro desta tarde, Monsieur Farival –respondeu Robert en voz alta e cun aire de soberbia, evocando un cabaleiro no escenario. Obrigárase a si mesma a toma-la
sopa, e nese intre estaba collendo co garfo os crocantes pedaciños do court
bouillon[22]. Os namorados aproveitaban a conversa xeneralizada sobre México para falar con murmurios de asuntos que eles, con razón, consideraban que só eran da súa incumbencia. Unha vez agasallaran á muller de negro cun rosario orixinal de artesanía mexicana, con indulxencia especial, pero ela nunca puidera pescudar se esa indulxencia ía máis aló da fronteira mexicana. O pai Fochel, da catedral, tentara explicarllo, pero non o fixera á súa enteira satisfacción. Rogoulle a Robert que se interesase, de lle ser posible, se tiña dereito á indulxencia que acompañaba ó curiosísimo rosario mexicano. Madame Ratignolle esperaba que Robert tomase sumas precuacións no seu trato cos mexicanos, ós que ela consideraba traizoeiros, vingativos e sen escrúpulos. Confiaba en non cometer ningunha inxustiza condenándoos como raza. Tan só coñecera persoalmente a un mexicano, que facía e vendía excelentes tamais, no que confiara instintivamente pola súa fala tan doce. Un día foi arrestado por apuñala-la súa muller. Nunca soubo se o aforcaran ou non. Victor puxérase gracioso e tentou conta-la anécdota dunha moza mexicana que serviu chocolate durante un inverno nun restaurante de Dauphine Street. Ninguén o escoitaba, a non se-lo ancián Monsieur Farival, que morría de risa coa graciosa historia. Edna pregúntabase se tolearan para falar e vociferar en semellante ton. Ela non podía pensar no que dicir tocante a México e os mexicanos. —¿A que hora marcha? –preguntoulle a Robert. —Ás dez –respondeu el–. Beudelet quere esperar a que saía a lúa. —¿Xa ten todo listo para marchar? —Case. Só levarei un bolso de man, e empacarei o baúl na cidade. Volveu responder ás preguntas que lle formularon a nai e mais Edna; e, unha vez que rematou o café, retirouse da mesa. Ela foi directamente ó seu cuarto. Despois do contacto co aire fresco, notou a pequena casa cargada e sufocante. Pero non lle importaba; parecía coma se dentro houbese milleiros de cousas diferentes que demandaban a súa atención. Empezou por poñer en orde a balda do tocador, protestando pola neglixencia da mulata, que estaba no cuarto contiguo deitando os nenos. Recolleu as roupas soltas que pendían nas espaleiras das cadeiras, e colocounas no seu sitio: ben no armario, ben no caixón da cómoda. Cambiou o vestido por unha bata máis cómoda e folgada. Amañou o pelo, peiteándoo cunha enerxía pouco habitual. Logo, foille axudar á mulata a mete-los nenos na cama. Estaban moi rebulideiros e dispostos a falar, a todo menos a deitárense tranquilos e a durmir. Edna enviou a neneira a cear e díxolle que non tiña que volver. Despois, sentou e contoulles ós nenos un conto. Pero, en vez de acougalos, o conto excitounos, e inda os desvelou máis. Deixounos nunha acalorada discusión, facendo cábalas acerca do final, que a súa nai lles prometeu contar para a seguinte noite. Entrou a mociña negra para dicirlle que Madame Lebrun desexaba que fose sentar con eles xunto á casa ata que Robert marchase. Edna mandou recado de que xa estaba espida e que non se atopaba moi ben, pero que ó mellor pasaría máis tarde. Chegou a quita-lo pegnoir e empezou a vestirse outra vez. Pero mudou de opinión e colocou unha vez máis o pegnoir. Saíu e sentou diante da súa porta. Estaba acalorada e irritable e abanouse enerxicamente por uns intres. Baixou Madame Ratignolle para ve-lo qué lle acontecía. —Pode que todo o ruído e a desorde da mesa me turbasen –contestou Edna–, ademais detesto os sobresaltos e as sorpresas. E pensar que Robert marcha así, de xeito tan ridiculamente repentino e dramático! ¡Coma se fose un asunto de vida ou morte! ¡Sen me dicir unha palabra en toda a mañá que botou comigo! —Si –asentiu Madame Ratignolle–. Coido que mostrou moi pouca consideración cara a nós, e cara a vostede, especialmente. Non me sorprendería en calquera dos demais. Eses Lebruns son todos uns extravagantes. Pero todo hai que dicilo: nunca esperaría cousa tal de Robert. ¿Non vai baixar? Veña, querida, non sería nada cordial. —Non –dixo Edna, cun pouco de xenreira–. Non vou toma-la molestia de vestirme outra vez. Non me apetece. —Non é necesario, está moi ben así; poña un cinto. ¡Mire como vou eu! —Non –insistiu Edna–, pero vaia vostede. Madame Lebrun pode ofenderse se ámbalas dúas quedamos aquí. Madame Ratignolle deulle un bico de despedida e marchou. En realidade, prefería unirse á animada conversa do grupo que inda continuaba co tema de México e dos mexicanos. Uns instantes despois apareceu Robert coa súa bolsa de man. —¿Atópase ben? –preguntoulle. —Si, bastante ben. ¿Marcha de contado? El prendeu un misto e mirou o reloxo. —Dentro de vinte minutos –dixo. A súbita e breve chama do misto acentuou a escuridade durante un momento. Sentou nun tallo que os nenos deixaran no soportal. —Colla unha cadeira –díxolle Edna. —Sírveme esto –contestou el. Puxo o lixeiro sombreiro e volveuno quitar con nerviosismo. Enxugando a cara co pano do nariz, queixouse da calor. —Tome o abano –díxolle Edna, ofrecéndollo. —¡Oh, non! Gracias. Non serve de nada; hai que deixar de abanarse nalgún intre, e despois un séntese moito máis incómodo. —Esa é unha das cousas ridículas que os homes sempre din. Nunca escoitei a ningún falar doutro xeito sobre o feito de abanicarse. ¿Canto tempo vai estar fóra? —Tal vez para sempre. Non o sei. Depende de moitas cousas. —Daquela, no caso de que non fose para sempre, ¿por canto tempo sería? —Non o sei. —Todo esto paréceme totalmente absurdo e innecesario. Non me gusta. Non entendo os motivos do seu silencio e misterio, de non dicirme unha soa palabra sobre o asunto en toda a mañá. Robert ficou en silencio, sen opoñer defensa. Despois dun intre, limitouse a dicir: —Non se arrede de min malhumorada. Nunca perdeu a paciencia comigo anteriormente. —Non quero arredarme de mal humor –dixo ela–. Pero, ¿non o entende? Estou afeita a velo, a telo comigo constantemente, e o seu xeito de actuar paréceme pouco amigable e mesmo desconsiderado. Nin sequera se desculpa. ¿Por que? Eu planeaba que seguisemos xuntos, pensaba no agradable que sería velo na cidade o vindeiro inverno. —Eu tamén –soltou el–. Quizais iso sexa... De súpeto, ergueuse e tendeulle a man. —Adeus, miña querida señora Pontellier, adeus. Non me..., espero que non me esqueza de todo. Ela aferrouse a súa man facendo forza por detelo. —Escríbame cando chegue. ¿Farao Robert? –suplicou Edna. —Fareino. Gracias. Adeus. ¡Que impropio de Robert! Calquera coñecido tería contestado á súa petición con algo máis efusivo que "Fareino, gracias, adeus". Evidentemente, xa se despedira dos que estaban xunto á casa, posto que baixou a escalinata e xuntouse con Beaudelet, que estaba alí, cun remo ó ombro, agardando a Robert. Afastáronse ámbolos dous na escuridade. A Edna só lle chegaba a voz de Beaudelet; ó parecer, Robert non se dirixira ó seu acompañante nin tan sequera para saudalo. Edna mordeu convulsivamente o pano do nariz, loitando por reter e ocultar, ata para ela mesma, coma se llo agachase a un estraño, a emoción que a angustiaba e acoraba. Os seus ollos rebordaban bágoas. Por primeira vez, recoñeceu de novo os síntomas do namoramento que, de xeito incipiente, sentira de nena, de moza, nos primeiros anos da adolescencia e, máis tarde, coma muller. A constatación do feito non diminuíu o seu realismo, nin a intensidade da revelación se reduciu con sombras ou promesas de inestabilidade. O pasado non supuña nada para ela; non lle ofrecía ningunha lección que estivese disposta a ter en conta. O futuro era un misterio que nunca intentara desentrañar. Só o presente tiña significado; era seu, para torturala, como estaba a facer neste intre, coa punzante convicción de ter perdido o que posuira, de térselle negado aquelo que o seu ser apaixonado, novamente esperto, pedía.
XVI —¿Bota moito en falta ó seu amigo? –preguntoulle unha mañá Mademoiselle Reisz, mentres subía lentamente tras dela, que viña da casa camiño da praia. Edna pasaba a meirande parte do tempo na auga, agora que por fin aprendera a nadar. O final da súa estadía en Grand Isle íase achegando e ningún tempo lle parecía abondo para dedicarllo a ese entretemento que lle proporcionaba os únicos intres de verdadeiro pracer que coñecía. Cando chegou Mademoiselle Reisz, tocoulle no ombro, e dirixiulle a palabra, Edna tivo a sensación de que aquela muller era coma o eco do pensamento que ela tiña constantemente na cabeza; mellor dito, do sentimento que, sen cesar, a posuía. A partida de Robert levara, en certo xeito, a luminosidade, a cor, o significado de todo. As súas condicións de vida non mudaran no substancial, pero toda a súa vida apagárase coma un vestido descolorido que xa no serve para pór. Buscábao por todas partes, en tódolos demais, ós que inducía a falaren del. Polas mañás subía ó cuarto de Madame Lebrun desafiando o tracatá da vella máquina de coser. Sentaba alí e charlaba ós poucos, como facía Robert. Miraba os cadros e as fotografías colgadas nas paredes da estancia, e, cando descubría nalgún recuncho un vello álbum familiar, examinábao con vívido interese, acudindo a Madame Lebrun para que lle aclarase quén eran as numerosas figuras e rostros que aparecían entre as páxinas. Había unha foto de Madame Lebrun con Robert de bebé, sentado no seu regazo; un neno con cara redonda co puño na boca. Só os ollos do neno evocaban o home. E velaí estaba el de novo, cunha saia escocesa, a idade de cinco anos, con longos bucles e cun látego na man. A foto fixo rir a Edna. Tamén riu co retrato no que Robert levaba os seus primeiros pantalóns longos. Había outra foto, que lle interesou, tomada cando marchara á universidade; estaba delgado, co rostro alongado, os ollos cheos de lume, ambición e grandes proxectos. Pero non había ningunha foto recente, ningunha que lle lembrase o Robert que partira había cinco días, deixando o baleiro e a soidade tras del. —¡Ah, Robert deixou de facerse fotos en canto tivo que pagalas el mesmo! Dicía que atopaba cousas mellores nas que emprega-los cartos –esclareceu Madame Lebrun. Tiña unha carta súa, escrita antes de saír de Nova Orleáns. Edna desexaba ve-la carta, e Madame Lebrun díxolle que buscase pola mesa, no vestidor, ou tal vez na repisa da cheminea. A carta estaba na librería, e para Edna estaba provista do maior interese e atracción; o sobre, o seu tamaño, forma, cuño, caligrafía. Examinou cada detalle externo antes de abrila. Eran soamente unhas poucas liñas dicindo que deixaría a cidade aquela tarde; que xa empacara a súa equipaxe perfectamente; que se atopaba ben e que lle mandaba todo o seu amor, rogándolle que dese a todos recordos afectuosos da súa parte. Non había ningunha mensaxe especial para Edna, excepto unha posdata dicindo que se a señora Pontellier desexaba remata-lo libro que el lle estivera a ler, a súa nai atoparíao no seu cuarto, entre outros libros, enriba da mesa. Edna sentiu unha punzada de celos porque lle escribira á nai en vez de a ela. Todos parecían dar por sentado que o botaba en falta. Incluso o seu home, cando chegou o sábado seguinte á partida de Robert, lamentou que marchara. —¿Como te amañas sen el, Edna? –preguntoulle. —Fáiseme moi aburrido sen el –admitiu ela. O señor Pontellier vira a Robert na cidade, e Edna fíxolle unha ducia, ou máis, de preguntas. ¿Onde o atopara? Pola mañá en Carondelet Street. Entraran nun bar e tomaran unha copa e fumaran un xaruto xuntos. ¿De que falaran? Principalmente dos seus proxectos en México, os cales o señor Pontellier consideraba prometedores. ¿Que aspecto tiña? ¿Serio, ledo, como? Bastante animado, e totalmente afeito á idea da súa viaxe, cousa que o señor Pontellier atopaba moi natural nun mozo disposto a buscar fortuna e aventura nun estraño e insólito país. Edna bateu, con inquedanza, o chan cos pés e preguntou para si mesma por qué os nenos porfiaban en xogar ó sol cando debían estar baixo das árbores. Baixou e apartounos do sol, amoestando a mulata pola falla de coidado. Non atopaba en absoluto grotesco ter feito de Robert o obxecto da súa conversa e ter inducido a falar del ó seu home. O sentimento que gardaba por Robert non se parecía de xeito ningún ó que sentía polo seu home, nin a nada que sentira antes, nin a nada que esperara sentir algunha vez. Durante toda a súa vida estivera afeita a abrigar pensamentos e emocións que non tiñan voz propia. Endexamais tomaran forma activa. Pertencíanlle, eran de seu, e estaba convencida de ter dereito a eles, de que non concernían a ninguén, salvo a ela. Nunha ocasión, Edna dixéralle a Madame Ratignolle que nunca se sacrificaría polos seus fillos, nin por ninguén. Despois seguira unha acalorada discusión; as dúas mulleres parecían non entenderse ou non fala-lo mesmo idioma. Edna intentou calma-la súa amiga e explicarllo. —Renunciaría ó accesorio. Daría os cartos, daría a vida polos meus fillos, pero non me daría a min mesma. Non podo explicalo con máis claridade; é tan só algo do que empezo a ser consciente, que se me está revelando. —Non sei ó que lle chama vostede esencial, ou qué quere dicir con accesorio –dixo Madame Ratignolle, alegremente–. Pero unha muller que daría a vida polos seus fillos non pode facer máis. Iso di a Biblia. Estou segura de que eu non podería facer máis. —Si que podería –riu Edna. Non a sorprendeu a pregunta de Mademoiselle Reisz aquela mañá, cando a dama, seguíndoa camiño da praia, lle tocou no ombro e lle preguntou se non botaba moito en falta ó seu amigo novo. —¡Ah, é vostede, Mademoiselle! ¡Bos días! Por suposto que boto en falta a Robert. ¿Vaise dar un baño? —¿E por que ía bañarme xusto á final da tempada, cando non metín un pé na auga en todo o verán? –contestou a muller, displicentemente. —Rógolle me perdoe –desculpouse Edna, algo violenta porque non deberá esquece-la prevención á auga de Mademoiselle Reisz e que dera lugar a moitas bromas. Algúns pensaban que era polo seu pelo postizo ou por temor a molla-las violetas; outros atribuíano á crenza de que o temperamento artístico leva implícita unha teima natural á auga. Mademoiselle ofreceulle a Edna bombóns dunha bolsa de papel que sacou do peto, para amosarlle que non lle gardaba resentimento. Ela adoitaba comer chocolatinas polas súas calidades nutritivas; dicía que contiñan moito alimento en pouca cantidade. Salvábana de morrer de desnutrición, pois a comida de Madame Lebrun era absolutamente deplorable, e ninguén, agás unha muller con tanta desvergoña coma Madame Lebrun, ousaría ofrecer tal comida, e logo cobrala. —Debe de sentirse moi soa sen o seu fillo –dixo Edna querendo cambiar de tema–. E, inda por riba, o seu fillo preferido. Debeu de ser moi duro deixalo marchar. Mademoiselle riu con malicia. —¡O seu fillo preferido! ¡Vaia! ¿Quen lle meteu ese conto na cabeza? Aline Lebrun vive para Victor e só para el. Mimouno ata convertelo na desprezable criatura que é. Adórao a el e ata o chan que pisa. Robert, en certo senso, está moi ben para darlle á familia tódolos cartos que gaña, reservando para el unha mesquindade. ¡Así que o fillo preferido! Eu tamén boto en falta ó pobre do rapaz. Gustábame velo e escoitalo por aquí; o único Lebrun que merece a pena. Vénme visitar á cidade con frecuencia. Gústame tocar para el. ¡Ese Victor! A forca sería demasiado boa para el. É unha milagre que Robert non o mallase a paos hai tempo. —¡Crin que tiña moita paciencia co irmán! –aventurou Edna, leda de estar falando de Robert, sen importarlle o que se dixese. —¡Oh, deulle unha boa boura hai un ou dous anos! –dixo Mademoiselle–. Foi por mor dunha rapaza española sobre a que Victor se cría con algún dereito. Un día atopouno falando coa moza, paseando con ela, bañándose ou levándolle o cesto, non me lembro exactamente do qué, e púxose tan insultante e ofensivo, que Robert deulle alí mesmo unha malleira que o mantivo a raia, dentro do que cabe, por unha tempada. Xa van sendo horas de que reciba outra. —¿Chamábase Mariquita? —Si, Mariquita; iso é, Mariquita. Esquecérame. Oh, esa Mariquita é unha grileira; élle unha boa peza. Edna baixou a vista fronte a Mademoiselle Reisz e pensou cómo puido estar tanto tempo escoitando ese veleno. Por algunha razón, sentíase deprimida, case desgraciada. Non viñera coa intención de meterse na auga, pero puxo o traxe de baño e deixou a Mademoiselle soa, sentada á sombra do toldo dos nenos. Á medida que o verán avanzaba, a auga estaba máis fría. Edna mergullouse e nadou cun desenfreo tal que a fixo estarrecer e a revitalizou. Quedou un bo anaco na auga, case desexando que Mademoiselle Reisz non a agardase. Mais ela esperouna. Estivo amable no camiño de volta, e desfíxose en eloxios polo aspecto de Edna en traxe de baño. Falou de música. Esperaba que Edna a visitase na cidade, e escribiulle o seu enderezo a lapis, nun anaco de tarxeta que atopou no peto. —¿Cando marcha? –preguntou Edna. —O vindeiro luns. ¿E vostede? —A semana que vén –contestou Edna. E engadiu:– foi un verán agradable, ¿non tal, Mademoiselle? —¡Vaia! –asentiu Mademoiselle Reisz, encollendo os ombros–. Bastante agradable, a non ser polos mosquitos e as xemelgas Farival.
XVII Os Pontellier posuían unha encantadora casa en Nova Orleáns, situada en Esplanade Street. Era un gran chalé de dúas alturas, cun amplo corredor por diante, con columnas redondas e acanaladas que sostiñan o tellado inclinado. Estaba pintada dun branco cegante; os postigos exteriores ou celosías eran verdes. No patio, escrupulosamente limpo, había flores e plantas de distinto xénero que florecen en Louisiana do Sur. De portas para dentro, o mobiliario axustábase perfectamente ó convencional. As alfombras máis suaves cubrían o chan; nas portas e nas fiestras pendían ricas e elegantes cortinas. Había cadros nas paredes, seleccionados con criterio e bo gusto. O vidro tallado, a prata, os grosos damascos que a diario aparecían enriba da mesa eran a envexa de moitas mulleres con homes menos xenerosos que o señor Pontellier. Encantáballe pasear pola súa casa examinando o mobiliario e os detalles, comprobando que nada estaba fóra de sitio. Valoraba moito as posesións, máis que nada porque eran súas e porque da contemplación dunha pintura, dunha estatuíña, dunha cortina de encaixe selecto, ou de calquera outra cousa, obtiña un xenuíno pracer, cando, unha vez mercado, o colocaba entre os seus deuses domésticos. Os martes pola tarde –o martes era o día da recepción da señora Pontellier– había un fluxo permanente de visitas; mulleres que chegaban en carruaxe ou en tranvía, ou que viñan paseando se o aire era suave e a distancia o permitía. Un mozo mulato claro, vestido de frac e cunha diminuta bandexa de prata para as tarxetas de visita recibíaos. Unha doncela, con cofia branca encaixada, ofrecía ás visitas licor, café ou chocolate, ó gusto de cadaquén. A señora Pontellier, cunha elegante vestimenta de recepción, permanecía no salón todo o serán recibindo os visitantes. Por veces, ó cae-la tarde, viñan tamén os homes acompañando ás súas esposas. Este fora o programa que a señora Pontellier seguira relixiosamente dende a súa voda, seis anos atrás. Algunhas noites, durante a semana, ela e mailo home asistían á ópera ou, ás veces, ó teatro. O señor Pontellier marchaba da casa pola mañá, entre as nove e as dez, e rara vez volvía antes das seis e media ou as sete do serán, para a cea, que se servía ás sete e media. Poucas semanas despois do regreso de Grand Isle, el e maila súa esposa séntaronse á mesa un martes á noite. Estaban os dous sós. Os nenos foran á cama; de cando en vez, escoitábanse lixeiras carreiras de pés descalzos e a voz acosadora da neneira mulata, que suplicaba con débiles protestas. A señora Pontellier non levaba o traxe das recepcións dos martes, como era habitual; vestía normal, de andar pola casa. O señor Pontellier, moi observador para eses detalles, caeu na conta, mentres servía a sopa e lle tendía a sopeira ó mozo de comedor. —¿Estás cansa, Edna? ¿A quen recibiches? ¿Moitas visitas? –preguntou. Probou a sopa e comezou a sazonala con sal, pementa, vinagre, mostaza e todo o que había ó seu alcance. —Houbo moitísimas –contestou Edna, tomando a sopa con evidente satisfacción–. Estiven fóra e atopei as súas tarxetas de visita cando cheguei. —¿Fóra? –exclamou o seu home, cun ton de auténtica consternación, mentres depositaba as vinagreiras e a miraba a través dos anteollos–. ¿Por que? ¿Que te obrigou a saír en martes? ¿Que tiñas que facer? —Nada. Simplemente, apetecíame saír e saín. —Ben, espero que deixases unha escusa satisfactoria –dixo o seu home, calmado, en certo modo, mentres que engadía un chisco de caiena á sopa. —Non, non deixei ningunha escusa. Ordeneille a Joe que dixese que saíra. Iso é todo. —Pero ¿por que, querida? Crin que xa entenderas que a xente non fai esas cousas; temos que acata-los convenances[23] se queremos saír adiante e manternos á altura da procesión. Se sentías a necesidade de liscar da casa esta tarde, deberías deixar unha desculpa ó caso para a túa ausencia. Esta sopa está verdadeiramente imposible; é incrible que esa muller inda non aprendese a facer unha sopa decente. Calquera chiringo da cidade sérvea mellor. ¿Estivo O señor Belthrop aquí? —Joe, trae a bandexa coas tarxetas. Non me lembro de quén veu. O mozo retirouse e, pasado un intre, volveu coa bandexiña de prata cuberta de tarxetas de visita femininas. Tendeulla á señora Pontellier. —Dálla ó señor Pontellier –dixo Edna. Joe tendeulle a bandexa á señora Pontellier, e despois remexeu a sopa. O señor Pontellier examinou os nomes dos visitantes da súa esposa, lendo algúns en voz alta e intercalando comentarios. —As señoritas Delasidas. Esta mañá fixen un bo negocio para o seu pai cuns artigos para entregar a prazos. Unhas mozas encantadoras. Xa vai sendo hora de que casen. A señora Belthrop. Direiche o que hai, Edna; non podes permitirte facerlle un desaire á señora Belthrop. ¿Por que? Pois porque Belthrop ten capacidade para mercarnos e vendernos dez veces. O seu negocio vale moito. Unha bonita cifra para min. Sería mellor que lle escribises unha nota. A señora James Highcamp. ¡Bah! Canto menos teñas que ver con ela, mellor. Madame Laforcé. Veu dende Carrolton, demasiado, coitada. Señorita Wiggs, Señora Eleanor Boltons... –botou as tarxetas a un lado. —¡Por favor! –exclamou Edna, botando fume. ¿Por que tomas esto tan en serio e fas tantos espaventos? —Non fago espaventos. Pero precisamente estas aparentes miudezas son as que hai que tomar en consideración. Estas cousas contan. O peixe estaba chamuscado, e o señor Pontellier non lle tocou. Edna dixo que non lle importaba un lixeiro gusto a torrado. O asado non estaba ó seu gusto, e tampouco lle agradou como serviron as verduras. —Paréceme –dixo– que gastamos cartos abondo nesta casa para procurármonos unha comida ó día que se poida inxerir sen sen mingua-la dignidade de un. —Denantes pensabas que a cociñeira era un tesouro –contestou Edna, con indiferencia. —Se cadra ó principio, cando chegou; pero as cociñeiras non son máis que seres humanos. Hai que controlálas, coma a calquera outra clase de persoa que se contrata. Imaxina que eu non estivese ó tanto dos empregados da miña oficina e permitise que as cousas fosen ó seu aire; farían axiña unha boa lea comigo e co negocio. —¿Onde vas? –preguntou Edna, vendo que o seu home se levantaba da mesa sen probar bocado, excepto unha cullerada de sopa excesivamente sazonada. —Vou cear ó club. Boas noites. Foi ó vestíbulo, colleu o sombreiro e o bastón do percheiro e saíu. Xa estaba, dalgún xeito, afeita a estas escenas. Fixérana, a miúdo, moi desgraciada. Nalgunhas ocasións anteriores sentírase totalmente desganada para remata-la cea. Outras fora á cociña para administrar unha tardía rifa á cociñeira. Nunha ocasión foi ó seu cuarto e botou a tarde enteira a estudia-lo libro de cociña, para rematar escribindo un menú semanal que a deixou abatida porque despois de todo non acadara nada que pagase a pena. Pero aquela noite, Edna rematou a cea soa, forzando a vontade. Tiña o rostro arroibado, e os seus ollos flamexaban cunha especie de lume interior que os acendía. Cando rematou de cear, tras darlle instruccións ó mozo para que dixese a calquera posible visita que estaba indisposta, marchou para o seu cuarto. Era un cuarto grande e fermoso, rico e colorido na lene penumbra que a doncela dispuxera ó baixa-la luz. Entrou, ficou de pé a carón da fiestra aberta, e mirou o enguedellado labirinto do xardín que se estendía ós seus pés. Todo o misterio e o meigallo da noite parecían congregarse alí, entre os recendos e escuros e tortuosos contornos de flores e follaxe. Buscábase e atopábase a si mesma naquela doce penunmbra que cadraba co seu estado de ánimo. Pero non eran voces de consolo as que chegaban da noite, do ceo e as estrelas. Eran burlonas, e soaban con queixas, sen promesas, desprovistas mesmo de esperanza. Entrou de novo no cuarto e empezou a percorrelo todo, dun lado ó outro, sen pausa nin repouso. Levaba nas mans un pano fino e, despois de esgazalo en tiras, enrolouno nunha bola e arrebolouno lonxe de si. Detívose un pouco e, quitando o anel de voda, guindouno na alfombra. Cando o viu alí, tirado, pisouno co calcaño, facendo por rompelo. Pero o pequeno talón da súa bota non o puido deformar; nin sequera logrou rabuña-lo aro relucente. Chea de ira, colleu un floreiro de cristal da mesa e estampouno contra as lousas do chan da cheminea. Quería destruír algo. Desexaba escoita-lo estalido e o estrondo. Unha doncela, alarmada polo ruído do cristal roto, entrou no cuarto para albeita-lo que estaba a acontecer. —Caeu un floreiro ó chan da cheminea –dixo Edna–, non se preocupe; déixeo ata mañá. —Pero pode cravarse un cristal no pé, señora –insistiu a moza, recollendo os anacos do floreiro espallados pola alfombra–. E aquí esta a súa alianza, señora, baixo da cadeira. Edna estendeu a man, colleu o anel e deixouno esvarar no seu dedo.
XVIII Á mañá seguinte, a piques de marchar para a oficina, o señor Pontellier preguntoulle a Edna se quería reunirse con el na cidade e miraren algúns accesorios novos para a biblioteca. —Non creo que necesitemos novos accesorios, Léonce. Non merquemos máis cousas. Es demasiado dilapidador. Estou segura de que nunca pensaches en gardar cartos ou aforrar. —O xeito de facerse rico é movendo os cartos, miña xoia, non aforrándoos –dixo el. Lamentou que non lle apetecese acompañalo a seleccionar novos accesorios. Despediuse cun bico, e díxolle que non tiña bo aspecto e que debía coidarse. Edna estaba pálida e moi silenciosa, algo pouco habitual nela. Permaneceu erguida no corredor de diante, mentres que el se afastaba da casa, e, ensumida, arrancou unhas poucas poliñas de xasmín que medraban nun enreixado achegado. Inhalou o arrecendo dos abrochos e meteunos no peto do traxe branco de mañá. Os nenos arrastraban pola verea un pequeno "vagón expreso" que encheran de tarugos e garabullos. A neneira mulata seguíaos con pasiños rápidos, finxindo animación e presteza. Unha vendedora de froita pregoaba as súas mercadorías pola rúa. Edna miraba ó fronte coa expresión ensimesmada. Non sentía ningún interese polo que a rodeaba. A rúa, os nenos, a vendedora de froita, as flores que alí medraban, diante dos seus ollos, eran parte e fragmentos dun mundo estraño que de súpeto se volvera hostil. Volveu entrar na casa. Pensara en falarlle á cociñeira dos disparates que cometera a noite anterior, pero o señor Pontellier libráraa de tan desagradable misión, para a que, por outra banda, estaba tan pouco dotada. Os argumentos que o señor Pontellier empregaba cos subordinados eran decote convincentes. Saíra da casa coa seguridade case total de que el e Edna poderían sentar aquela noite, e tal vez as noites sucesivas, a comeren algo que merecese o nome de cea. Edna botou unha ou dúas horas examinando algún dos seus vellos debuxos. Vía imperfeccións e defectos que saltaban á vista. Tentou traballar un pouco, pero recoñeceu que non estaba de humor. Finalmente xuntou algún dos debuxos que considerou menos vergoñosos e levounos consigo, cando, un pouco máis tarde, se vestiu e saíu da casa. Tiña un aspecto elegante e distinguido co traxe de rúa. O bronceado da praia desaparecéralle da cara e a fronte aparecía suave, branca e brillante baixo o abondoso pelo dourado. Tiña algunhas pencas na cara, unha pequena pinta escura preto do beizo inferior e outra na sen, media acochada polo pelo. Mentres camiñaba pola rúa pensaba en Robert. Inda estaba baixo o feitizo do namoramento. Intentara esquecelo, ó adverti-lo inútil que resultaba a súa lembranza. Pero pensar nel era coma unha teima que premía nela constantemente. Non é que se recrease nos detalles da súa amizade, nin rememorase algún trazo especial ou peculiar da súa personalidade; era o seu ser, a súa existencia, o que dominaba o seu pensamento, esvaecéndose ás veces coma se se afundise na néboa do esquecemento, reavivándose de novo cunha intensidade tal que a enchía dun incomprensible desexo. Edna dirixiuse á casa de Madame Ratignolle. A amizade que comezara en Grand Isle non diminuíra e, dende a súa volta á cidade, víanse con certa frecuencia. Os Ratignolle vivían preto da casa de Edna, na esquina dunha rúa lateral, onde Monsieur Ratignolle rexentaba unha farmacia da súa propiedade que gozaba de próspera e estable clientela. O seu pai levara o negocio antes ca el, e Monsieur Ratignolle estaba ben considerado na comunidade, mantendo unha envexable sona pola súa integridade e perspicacia. A súa familia vivía enriba da farmacia, nun confortable piso ó que se entraba por un dos lados da porte cochère[24]. Había algo que Edna atopaba moi francés, moi estranxeiro, en todo o seu xeito de vivir. No amplo e agradable salón, que ocupaba todo o ancho da casa, os Ratignolle entretiñan ós amigos unha vez cada quince días cunha soirée musicale[25], ás veces coa variante dunha partida ás cartas. Tiñan un amigo que tocaba o chelo. Un traía a frauta e outro o violín, outros cantaban e algúns interpretaban ó piano con distintos graos de gusto e pericia. As soirées musicales dos Ratignolle eran moi coñecidas e considerábase un privilexio ser invitado a elas. Edna atopou a súa amiga ocupada ordenando a roupa traída aquela mañá da lavandería. Ó ver a Edna, que fora conducida á súa presencia sen ningunha cerimonia, abandonou de contado a súa tarefa. —Cité pode facelo tan ben coma min; de feito é o seu traballo –explicoulle a Edna, que se desculpou por interrompela. Chamou a unha moza negra e advertiulle, en francés, que tivese moito coidado en comprobar punto por punto a lista que lle deu, mandándolle pór especial atención en se lle devolveran un dos panos de liño fino de Monsieur Ratignolle, que faltaba da semana anterior; e asegurarse de separa-las prendas que precisasen amaños ou remendos. Despois, poñendo un brazo ó redor da cintura de Edna, conduciuna á parte dianteira da casa, ó salón, que estaba fresco e fragrante polo arrecendo das rosas colocadas en floreiros ó pé da cheminea. Madame Ratignolle parecía alí, na casa, máis fermosa que nunca, co batín que deixaba case totalmente ó descuberto ós brazos e exhibía as espléndidas e escorregadizas curvas da súa gorxa branca. —Quizabes poida pinta-lo seu retrato algún día –dixo Edna, cun sorriso, mentres sentaban. Mostrou o rolo de debuxos e empezou a despregalos. —Coido que debería volver traballar. Sinto a necesidade de facer algo. ¿Que lle parecen? ¿Coida que paga a pena empezar de novo e seguir estudiando? Podería traballar por algún tempo con Laidpore. Sabía que a opinión de Madame Ratignolle nese asunto, sobre o que ela se sentía indecisa, sería case inútil. Estaba disposta a facelo pero buscaba palabras de eloxio e ánimo que lle axudasen a acometer con coraxe a aventura. —¡Querida, ten vostede un talento enorme! —¡Parvadas! –protestou Edna, sentíndose moi afagada. —Enorme, asegúrollo –insistiu Madame Ratignolle, examinando os debuxos un a un, moi de preto, estirando despois o brazo, mentres empequenecía os ollos e inclinaba a cabeza a un lado–. Este campesiño bárbaro merece un marco con toda ceretza. ¡E esta cesta de mazás! Endexamais vira nada tan real. Séntese un tentado de alonga-la man e coller unha. Edna non podía evitar un sentimento que raiaba na autocompracencia ó escoita-las loanzas da súa amiga, mesmo decatándose, como de feito facía, do seu verdadeiro valor. Gardou uns poucos dos debuxos e entregoulle o resto a Madame Ratignolle, que apreciou o agasallo máis aló do seu valor real, e, orgullosa, exhibiunos perante o seu home cando este subiu da farmacia, un pouquiño máis tarde, para xantar. Monsieur Ratignolle era un deses homes dos que se di que son o sal da terra. A súa xovialidade sen límites rivalizaba coa súa bondade, a súa gran caridade e o seu senso común. El e maila súa muller falaban inglés cun acento que só se percibía na intensidade, tan impropia do inglés, e nun certo esmero e ponderación. O home de Edna falaba inglés sen ningún tipo de acento. Os Ratignolle entendíanse entre eles perfectamente. Se algunha vez neste mundo se logrou a fusión de dous seres humanos nun, foi coa súa unión. Cando Edna sentou á mesa pensou: "¡Que galdrumada me agarda!" Inda que non tardou en descubrir que non era unha galdrumada, senón unha deliciosa comida sinxela, selecta e satisfactoria en tódolos seus detalles. Monsieur Ratignolle estivo encantado de vela, inda que a atopou con peor aspecto que en Grand Isle, e aconselloulle un tónico. Falaba moito e de temas diversos: un pouco de política, novas da cidade e os contos da veciñanza. Falaba con animación e seriedade, dándolle a cada sílaba que pronunciaba unha importancia esaxerada. A súa dona interesábase profundamente por todo o que el dicía, repousando o garfo para escoitalo mellor, terciando na conversa e bebendo as verbas da súa boca. Ó deixalos, Edna sentiuse máis abatida que consolada. A breve visión da harmonía doméstica non lle causou nin remordentos, nin morriña. Non era ese o tipo de vida que lle ía, e non vía nel senón un abraiante e desesperanzado fastío. Sentía unha especie de compaixón por Madame Ratignolle, piedade por aquela existencia gris que nunca a elevaría por riba da satisfacción cega onde non hai lugar para a angustia na súa alma nin para saborea-lo delirio de vivir. Edna preguntouse vagamente que quixera dicir co "delirio de vivir". Esta expresión cruzara pola súa mente como unha impresión estraña e espontánea.
XIX Edna non podía evitar pensar que o feito de ter tripado a súa alianza e arrebolado o seu floreiro de cristal contra o chan da cheminea fora unha parvada completa e absolutamente infantil. Non a acometeron máis arranques que a empurrasen a usar recursos tan fútiles. Comezou a obrar como ela quería e a sentir como desexaba. Abandonou por completo as xuntanzas dos martes na casa e non devolveu as visitas ós que foran visitala. Non fixo esforzos inútiles por leva-la casa en bonne ménagère[26]; ía e viña cando lle apetecía, e, no posible, abandonábase a calquera antollo pasaxeiro. O señor Pontellier fora un marido bastante atento namentres atopou na súa dona unha certa submisión tácita. Pero a súa nova e inesperada liña de conducta tíñano totalmente abraiado. Dáballe medo. Ademais, o completo abandono dos seus deberes como esposa alporizábano. Cando o señor Pontellier resultaba descortés, Edna púñase insolente. Resolvera non dar xamais un paso atrás. —Paréceme unha total extravagancia que unha muller que está ó fronte dunha casa e que é nai de dous fillos bote nun estudio o tempo que debería empregar procurando o benestar da súa familia. —Apetéceme pintar –respondía Edna–. Se cadra non me vai apetecer sempre. —Entón, no nome de Deus, ¡pinta! Pero non deixes a familia nas mans do demo. Velaí tes a Madame Ratignolle; inda que segue coa música, non deixa que todo o demais sexa un caos. E ela ten máis de músico que ti de pintora. —Nin ela é musico, nin eu pintora. E non é por mor da pintura polo que deixo i-las cousas. —Daquela, ¿Por que é? —¡Ah, non o sei! ¡Déixame en paz! ¡Non me amoles! Ó señor Pontellier pasábaselle ás veces polo maxín a dúbida de se a súa muller non estaría a trastornarse mentalmente. Vía con claridade que Edna non era ela mesma. É dicir, el non vía que Edna estaba chegando a ser ela mesma e rexeitando día a día ese eu ficticio que asumimos coma un disfrace co que aparecer perante o mundo. O seu home deixábaa soa, tal e
coma ela pedía, e ía a oficina. Edna subía ó seu atelier[27],
unha luminosa estancia no alto da casa. Traballaba con enorme enerxía e
interese, pero non conseguía nada que a satisfixese o máis mínimo. Durante un
tempo tivo toda a casa enrolada ó servicio da arte. Os rapaces pousaban para
ela. Atopábano divertido ó principio, pero axiña a distracción perdeu o seu
atractivo cando descubriron que non era un xogo pensado expresamente para a súa
diversión. A mulata sentaba durante horas ante a paleta de Edna, paciente coma
un salvaxe, mentres a doncela se encargaba dos nenos e o salón permanecía sen
lle tira-lo po. Pero a doncela tamén cumpriu a quenda como modelo cando Edna se
decatou de que o lombo e os ombros da moza estaban modelados segundo as liñas
clásicas, e que o seu pelo, desatado, sen a contención da cofia, resultaba
inspirador. Ás veces, mentres traballaba, cantaruxaba en voz baixa a
cancionciña "Ah,
si tu savais". Esto traíalle lembranzas á memoria. Volvía escoitar de novo o murmurio da auga e o bater da vela. Vía o cintileo da lúa sobre a baía e sentía o brando e racheado azoute do cálido vento do sur. Unha imperceptible corrente de desexo percorreu o seu corpo, minguando as súas forzas co pincel e abrasándolle os ollos. Había dez días que era feliz sen saber por qué. Feliz de estar viva e de respirar. Días nos que todo o seu ser parecía afundirse coa luz do sol, os recendos e a exuberante morneza do sur. Entón, gustáballe pasear soa por lugares estraños e descoñecidos. Descubría recunchos soleados nos que adormecerse e soñar. Atopaba delicioso soñar e estar soa sen que ninguén a molestase. Había días nos que era desgraciada sen saber tampouco por qué. Días nos que parecía non paga-la pena estar leda ou triste, viva ou morta; momentos nos que a vida parecía un grotesco pandemonio e a humanidade vermes que loitaban cegamente ata o seu inevitable aniquilamento. En tales momentos, non podía traballar nin tece-las fantasías que acelerasen os seus latidos e acendesen o seu sangue
XX Durante un daqueles estados de ánimo, Edna buscou a Mademoiselle Reisz. Non esquecera a impresión, desagradable abondo, que lle deixara a súa última entrevista; pero, con todo e iso, sentía desexos de vela, sobre todo de oírlle toca-lo piano. Á primeira hora da tarde emprendeu a busca da pianista. Por desgracia, extraviara ou perdera a tarxeta de Mademoiselle Reisz e, buscando o enderezo na guía da cidade, comprobou que vivía en Bienville Street, a certa distancia súa. A guía que lle caeu nas mans tiña máis dun ano. Cando chegou ó número indicado, Edna descubriu que a casa estaba ocupada por unha respectable familia de mulatos que alugaban chambres garnies[28]. Había seis meses que vivían alí, e non sabían absolutamente nada daquela tal Mademoiselle Reisz. Realmente, non sabían nada de ningún dos veciños; e aseguráronlle que os seus inquilinos eran todos xente do máis distinguido. Edna non se detivo a discutir con Madame Poupone sobre as diferencias de clase, senón que se dirixiu rapidamente ata a tenda de ultramarinos veciña, coa seguridade de que Mademoiselle lle deixara o seu enderezo ó propietario. Este informouna de que coñecía a Mademoiselle Reisz moito mellor do que el desexaría. O certo é que non quería saber nada, nin dela nin de calquera cousa que tivese relación coa muller máis desagradable e impopular que endexamais vivira en Bienville Street. Dáballe gracias ó ceo de que tivese abandonado a veciñanza e agradecía tamén non coñece-lo seu paradoiro. Con esta serie de obstáculos, a Edna multiplicáronselle as ganas de ver a Mademoiselle Reisz. Estaba a preguntarse quén lle podería da-la información que buscaba cando, de súpeto, ocorréuselle que Madame Lebrun era a persoa idónea. Sabía que era inútil preguntarlle a Madame Ratignolle, que mantiña unha relación moi distante coa pianista e prefería non saber nada dela. En certa ocasión, falara do asunto en termos tan contundentes coma o tendeiro da esquina. Edna sabía que Madame Lebrun volvera á cidade, pois estaban a mediados de novembro. Tamén sabía que os Lebrun vivían en Charles Street. Por fóra, a súa casa semellaba un cárcere, coas reixas de ferro diante da porta e as fiestras baixas. As reixas de ferro eran unha reliquia do antigo régime [29], e a ninguén se lle ocorrería quitarllas. Por un lado, unha reixa alta pechaba o xardín. A porta que daba á rúa estaba pechada. Edna chamou ó timbre pola porta do xardín e esperou na beirarrúa a que lle abrisen. Abriulle Victor. Unha muller negra, secando as mans no mandil, pisáballe os calcañares. Antes de velos, Edna escoitounos rifar; a muller, inda que pareza anormal, reclamaba o dereito a que se lle permitira cumpri-los seus deberes, un dos cales era contestar ó timbre. Victor, sorprendido e encantado de ver á señora Pontellier, non intentou agachar nin a súa sorpresa, nin o seu agrado. Era un atractivo mozo de dezanove anos, coas cellas escuras, moi parecido á súa nai, pero cun ímpeto cen veces meirande có dela. Deulle ordes á muller negra de que avisase de contado a Madame Lebrun e que a informara de que a señora Pontellier desexaba vela. A muller negouse, rosmando, por ter que facer parte do seu traballo, cando non se lle permitía facelo enteiro, e dispúxose a restablece-la interrompida tarefa de carda-lo xardín. Victor increpouna cun torrente de insultos que, debido á súa rapidez e incoherencia, foi totalmente incomprensible para Edna. Fose o que fose, a reprimenda produciu efecto, pois a muller deixou cae-la aixada e entrou fungando na casa. Edna non desexaba entrar. Estábase moi a gusto alí, nese lado do soportal, coas cadeiras, o canapé de vimbio e a mesiña. Cansa dunha longa tirada, sentou e comezou a arrolarse suavemente, amañando namentres os pregues do parasol de seda. Victor achegoulle unha cadeira. Inmediatamente explicoulle que o comportamento ofensivo da muller negra debíase ó seu adestramento imperfecto, e que non ía ser el o encargado de imporlle disciplina. Chegara da súa illa a mañá anterior, e esperaba volver para aló o día seguinte. Ficaba todo o inverno na illa; vivía alí, mantendo o lugar en condicións e arranxando as cousas para os veraneantes. Pero como un home necesita espallarse de cando en vez, seguiu informando á señora Pontellier, xuntaba pretextos para vir á cidade cada dous por tres. ¡Meu Deus! A noite pasada fora unha desas... Non quería que a súa nai se informase, e empezou a falar en voz baixa. Resplandecía ó lembra-lo acontecido. Por suposto, non ía contarlle todo á señora Pontellier, que como muller, non o había comprender. Pero a cousa comezou cunha moza que, ó pasar, sorriulle dende unha fiestra entreaberta. ¡Unha fermosura! Por suposto que el lle devolveu o sorriso, e volveu parolar con ela. A señora Pontellier non o coñecía se pensaba que era dos que deixan pasar unha oportunidade semellante. Inda ó seu pesar, a Edna divertíaa o rapaz. O seu mirar debía de delatar certo interese e entretemento. O mozo foi levando a súa ousadía cada vez máis lonxe, e, de non ser pola oportuna chegada de Madame Lebrun, a señora Pontellier non tardaría moito en escoitar algunha historia subida de ton. A dama continuaba, seguindo o costume do verán, vestida de branco. Os seus ollos dirixíronlle a Edna unha efusiva benvida. ¿Non lle apetecería á señora. Pontellier pasar á casa? ¿Tomaría algún refresco? ¿Por que non viñera antes? ¿Como estaban o querido señor Pontellier e os seus encantadores fillos? ¿Vira algunha vez a señora Pontellier un novembro tan bo? Victor foise reclinar no canapé de vimbio, detrás da cadeira da súa nai, dende onde controlaba o rostro de Edna. Entrementres falaba con Edna, Victor collera o parasol e, agora, tombado de costas, erguíao e facíao xirar por riba da súa cabeza. Madame Lebrun queixouse do aburrida que resultaba a súa volta a cidade; da pouca xente que vía agora; e de que mesmo Victor, cando subía da illa por un ou dous días, tiña o tempo comprometido coas súas obrigas. Foi entón cando o mozo comezou a revirarse no canapé e chiscoulle a Edna un ollo con picardía. Edna sentiuse, en certo modo, coma un cómplice do delicto, e tentou aparecer severa e en desacordo. Comentáronlle que só recibiran dúas cartas moi breves de Robert. Cando a nai lle rogou que entrase buscalas, Victor dixo que, en realidade, non pagaba a pena ir por elas. El lembraba todo o que dicían, e, verdadeiramente, cando o puxeron a proba, recitou o seu contido con moita soltura. Unha das cartas estaba escrita dende Veracruz, e a outra dende a Cidade de México. Reunírase con Montel, que o axudaba en todo o posible para facelo prosperar. Ata o momento, a súa situación financeira non mellorara respecto á que deixara en Nova Orleáns, pero, por suposto, as perspectivas eran infinitamente mellores. Contaba cousas sobre a Cidade de México: os edificios, a xente e os costumes, e as condicións de vida que atopara. Mandáballe todo o seu agarimo á familia e incluía un cheque para a súa nai, esperando que ela lle dese memorias afectuosas da súa parte a tódolos amigos. Iso era, en síntese, o que contiñan as dúas cartas. Edna sabía que se houbese algunha mensaxe para ela habíalle chegar. O abatemento co que saíra da casa empezou a invadir de novo o seu estado de ánimo, e lembrou que desexaba atoparse con Madamoiselle Reisz. Madame Lebrun sabía onde vivía Mademoiselle Reisz. Deulle a Edna o enderezo, lamentando que non aceptase pasar con ela o que lle quedaba de tarde, e deixase a visita a Mademoiselle Reisz para outro día. Xa estaban na tardiña. Victor acompañouna ata a beirarrúa, levantou o parasol e sostívoo por riba del mentres ían ata o coche. Rogoulle que tivera en conta o carácter estrictamente confidencial das revelacións daquela tarde. Ela riu e chanceou un pouco, decatándose demasiado tarde de que se debería mostrar seria e circunspecta. —¡Que elegante ía a señora Pontellier! –díxolle Madame Lebrun ó seu fillo. —Arrebatadora –confesou el–. O ambiente da cidade mellorouna. En certo modo, non parece a mesma muller.
XXI Había quén afirmaba que o motivo polo que Mademoiselle Reisz elixía sempre os áticos era o de evita-los mendigos, os quincalleiros e as visitas. O cuartiño dianteiro tiña moitas fiestras, as máis delas bastante lixadas, pero, como permanecían abertas case sempre, non se notaba moito. A miúdo deixaban pasar ó cuarto gran cantidade de fume e de feluxe; pero tamén entraba por elas toda a luz e o aire do exterior. Dende as fiestras víase a crecente do río, os mastros dos barcos e as grandes chemineas dos buques de vapor do Mississipi. Un piano magnífico enchía o apartamento. No cuarto contiguo durmía ela, e o terceiro e último acollía unha cociña de petróleo na que preparaba as súas comidas cando non lle apetecía baixar ó restaurante veciño. Xantaba alí mesmo e gardaba as súas pertenzas nun aparador estraño e vello, deslucido e baqueteado tras cen anos de uso. Cando Edna chamou á porta de Mademoiselle Reisz e entrou, sorprendeuna de pé a carón da fiestra, ocupada en compoñer ou amaña-lo botón dun vello botín. A pequena pianista riu de boa gana cando viu a Edna. A súa risa consistía nunha especie de contracción do rostro e dos demais músculos do corpo. Tiña un aspecto sorprendentemente sinxelo alí, de pé, á luz da tarde. Inda levaba o luído encaixe e o ramo de violetas artificiais a un lado da cabeza. —De xeito que ó cabo lembrouse de min –dixo Mademoiselle–. Dicía eu para min: "¡Bah, non ha vir nunca!" —¿Desexaba que viñese? –preguntou Edna, cun sorriso. —Non pensei moito niso –respondeu Mademoiselle. A dúas sentaran nun pequeno sofá de resortes rotos que estaba contra a parede. —Con todo –continuou Mademoiselle–, alégrome de que viñese. Teño auga fervendo na cociña e estaba a piques de face-lo café. Tomará unha cunca comigo. ¿E como vai a belle dame[30]? ¡Sempre tan fermosa! ¡Sempre tan saudable! ¡Sempre leda! –colleu a man de Edna entre os seus dedos nervados, manténdoa solta, sen efusividade, e executando unha dobre escala sobre a palma e o dorso. —Si –proseguiu–, ás veces pensaba: nunca virá. Prometeuno, como adoitan face-las damas da alta sociedade, por compromiso; pero non virá. Porque realmente, señora Pontellier non creo que eu sexa do seu gusto. —Non sei si me gusta vostede ou non –contestou Edna, baixando a vista para olla-la diminuta muller con certa perplexidade. A franqueza da confesión da señora Pontellier agradou enormemente a Mademoiselle Reisz, que expresou a súa gratitude dirixíndose sen dilación á cociña de petróleo e recompensando á súa hóspede coa prometida cunca de café. O café e as galletas que o acompañaban resultaron do agrado de Edna, que declinara o refrixerio na casa de Madame Lebrun, e agora comezaba a sentir fame. Mademoiselle colocou a bandexa que trouxera nunha mesiña auxiliar de xeito accesible e sentou de novo no escangallado sofá. —Recibín unha carta do seu amigo –observou, mentres vertía un pouco de tona na cunca de Edna e lla entregaba. —¿Do meu amigo? —Si, do seu amigo Robert. Escribiume dende a Cidade de México. —¿Escribiulle a vostede? –preguntou Edna, abraiada, ó tempo que remexía o café distraída. —Si, a min, ¿por que non? Non deixe arrefría-lo café; bébao. Inda que se trata dunha carta que podería estar dirixida a vostede; non hai máis que señora Pontellier dende o comezo ó remate. —Déixeme vela –suplicou Edna. —Non. Unha carta non concirne máis que a persoa que a escribe e a persoa a quen vai dirixida. —¿Non acaba de dicir vostede que se refire a min dende o comezo ó remate? —Fala de vostede pero non é para vostede. "¿Viu á señora Pontellier? ¿Que aspecto ten?", pregúntame. "Como di a señora Pontellier" ou "como a señora Pontellier dixo unha vez". "Se a señora Pontellier fose visitala, toque para ela o meu Impromptu favorito, o de Chopin. Escoiteino aquí hai un día ou dous, pero non era coma o que vostede toca. Gustaríame saber qué efecto produce en Edna". E así continuamente, como se crese que frecuentámo-los mesmos círculos. —Déixeme ve-la carta. —Ah, non. —¿Respondeulle vostede? —Non. —Déixeme ve-la carta. —Non. Unha e mil veces non. —Daquela, toque ese Impromptu para min. —Estase facendo tarde. ¿A que hora ten que estar de volta na casa? —A hora non me preocupa, e a súa pregunta resulta un pouco groseira. Toque o Impromptu. —Pero non me contou nada de vostede. ¿En que se ocupa? —¡Pinto! –dixo Edna, rindo–. Estoume facendo unha artista. ¡Non o esqueza! —¿Seica é artista? Ten moitas pretensións Madame —¿Por que pretensións? ¿Coida que non chegarei a ser artista? —Non a coñezo abondo para responderlle. Non coñezo nin o seu talento, nin o seu carácter. Pero ser artista implica moitos factores; ten un que estar dotado de aptitudes únicas, que non se adquiren polo propio esforzo. E, ademais, para triunfar, o artista debe ter un espírito valente. —¿Que quere dicir con espírito valente? —¡Valente, ma foi! O espírito bravo. O que se atreve e desafía. —Amóseme a carta e toque para min o Impromptu. Xa ve que son tenaz. ¿É que non conta para nada ese dote na arte? —Conta para unha vella tola á que vostede acaba de engaiolar –contestou Mademoiselle, cun sorriso crispado. A carta estaba alí, á man, no caixón da mesiña encol da cal Edna pousara a cunca de café. Mademoiselle abriu o caixón e sacou a carta, que estaba enriba de todo. Púxoa nas mans de Edna e, sen máis comentarios, ergueuse e dirixiuse ó piano. Mademoiselle tocaba un suave interludio. Era unha improvisación. Sentou ó piano no meso, demasiado baixo; a disposición desgairada das curvas e ángulos do seu corpo, dábanlle unha aparencia deforme. Gradual e imperceptiblemente, o interludio fundiuse cos doces acordes de obertura en ton menor do Impromptu de Chopin. Edna non distinguiu entre o final e o principio do Impromptu. Sentou nunha esquina do sofá, na penumbra, a le-la carta de Robert. Mademoiselle pasou suavemente de Chopin ós estarrecedores acordes da canción de amor de Isolda, para volver logo á sentimental e conmovedora morriña do Impromptu. As sombras facíanse máis densas no pequeno cuarto. A música transformábase en algo estraño e fantástico; turbulento, insistente, queixoso e lene coma unha súplica. As sombras volvéronse máis densas. A música enchía o cuarto e flotaba na noite, por riba das azoteas e a crecente do río, esvaecendo no silencio das capas máis altas do aire. Edna saloucaba, como fixera aquela noite en Grand Isle cando novas e estrañas voces espertaron dentro dela. Ergueuse axitada, dispoñéndose a marchar. —¿Podo vir algunha outra vez, Mademoiselle? –preguntou, no limiar. —Veña sempre que lle apeteza. ¡Teña coidado! As escaleiras e os descansos están escuros. Non tropece. Mademoiselle volveu entrar e acendeu unha candea. A carta de Robert estaba no chan. Detívose e recolleuna. Estaba engurrada e húmida coas bágoas. Mademoiselle alisouna, meteuna no sobre e volveuna pousar no caixón da mesa.
XXII Unha mañá, de camiño á cidade, o señor Pontellier detívose fronte á casa do seu vello amigo e médico da familia, o doutor Mandelet. O doutor estaba practicamente retirado, deixando, como se adoita dicir, o barco ó vento. Gozaba de boa reputación, máis pola súa sabedoría que pola súa destreza, e buscábase máis ben para asuntos de consulta, deixando a práctica activa da medicina para os seus axudantes e colegas máis novos. Inda atendía unhas poucas familias, vencelladas a el por lazos de amizade, cando necesitaban os servicios dun médico. Os Pontellier estaban entre estas. O señor Pontellier atopou o doutor lendo pegado á fiestra aberta do seu estudio. A casa quedaba bastante afastada da rúa, no centro dun xardín encantador, de modo que todo era paz e tranquilidade xunto á fiestra do despacho do ancián cabaleiro. Era un gran lector. Cando o señor Pontellier entrou, o doutor fitou con desaprobación, por riba dos anteollos, preguntando para si quén ousaba amolalo naquela hora da mañá. —¡Ah, Pontellier! Espero que non estea vostede enfermo. Pase e sente. ¿Que o trae por aquí esta mañá? Era bastante corpulento, cunha gran mata de pelo gris e uns olliños azuis, ós que a idade roubara moito do seu brillo, pero sen acabar coa súa agudeza. —¡Oh, eu nunca estou enfermo, doutor! Xa sabe que son de boa pasta e que procedo desa vella raza crioula dos Pontellier, que van murchando e ó final lévaos o vento. Veño consultarlle... Vaia, non exactamente consultarlle, máis ben falarlle de Edna. Non sei o qué ten. —¿Non se atopa ben a señora Pontellier? –preguntou o doutor estrañado–. Vina, coido que hai unha semana, paseando por Canal Street, e pareceume a viva imaxe da saúde. —Si, si; ten bo aspecto –dixo o señor Pontellier, inclinándose cara a adiante e xirando o caxato que tiña entre as mans–; pero non se comporta razoablemente. Está rara, non semella ela. Eu non chego a entendela, e pensei que quizabes vostede me axudaría. —¿Como se comporta? –preguntou o doutor. —Pois, non é doado de explicar –dixo o señor Pontellier, recostándose na cadeira–. Está deixando que toda a organización da casa se vaia ó demo. —Ben, ben; non tódalas mulleres son iguais, meu querido Pontellier. Hai que ter en conta... —Xa o sei; xa lle dixen que non podía explicarllo. A súa actitude cara a min, cara ós demais, e cara a todo, mudou por completo. Vostede xa sabe que eu teño un carácter vivo, pero non me gusta pelexar nin ser ofensivo coas mulleres, especialmente coa miña dona. Pero ela logra poñerme fóra de min e facer que me comporte coma un tolo. Estame a face-las cousas sumamente incómodas –continuou dicindo, alporizado–. Metéuselle na moleira algún tipo de idea relacionada cos dereitos eternos das mulleres; e, vostede xa me entende, vémonos pola mañá, na mesa do almorzo. O ancián cabaleiro ergueu as cellas hirsutas, sacou o groso beizo inferior e abaneou coas acolchadas xemas dos dedos os brazos da cadeira. —¿Que lle fixo vostede, Pontellier? —¿Que lle fixen eu? Parbleu! —¿Estivo –preguntou o doutor, cun sorriso–, estivo ultimamente en contacto con algún círculo de mulleres pseudointelectuais, seres superiores de altísima espiritualidade? A miña esposa faloume delas. —Ese é o problema –interrompeu o señor Pontellier–; non se está a relacionar con ninguén. Deixou as xuntanzas dos martes na casa, abandonou tódalas súas amizades, e dedícase a deambular soa e taciturna nos tranvías, para regresar á casa pola noite. Xa lle dixen que está moi estraña. Non me gusta. Estou un pouco preocupado. O doutor viu outras posibilidades. —¿Hai algo hereditario? –preguntou, con seriedade–. ¿Hai algo peculiar nos seus antecedentes familiares? —¡Por suposto que non! Procede dunha vella e rexia liñaxe presbiteriana de Kentucky. Segundo escoitei dicir, o cabeza de familia, o seu pai, expiaba os seus pecados da semana coas devocións do domingo. Cónstame que os seus cabalos de carreiras acabaron con boa parte da mellor terra de cultivo de Kentucky que nunca na miña vida vin... En canto a Margaret, xa a coñece vostede: é presbiterianismo puro e concentrado. E a máis nova é unha especie de harpía. Por certo, casa dentro de dúas semanas. —Mande a súa dona á voda –dixo o doutor, albiscando unha solución satisfactoria–. Deixe que pase unha tempada cos seus. Prestaralle moito. —Iso é o que me gustaría que fixese, pero négase ir á voda. Di que un casamento é un dos espectáculos máis lamentables do mundo. ¡Fermosa frase, para escoitar dos beizos dunha esposa! –exclamou o señor Pontellier, alporizado de novo ó lembralo. —Pontellier –dixo o doutor, tras cavilar un intre–, deixe a súa dona en paz por unha tempada. Non a amole, e non deixe que ela o amole a vostede. As mulleres, querido amigo, son organismos moi especiais e moi delicados. Unha muller tan sensible e tan sumamente vital como eu sei que é a súa, señor Pontellier, resulta inda máis senlleira. Faría falla un psicólogo experto para tratala con éxito. E nós, as persoas normais e correntes, cada vez que intentamos facer fronte a estas idiosincrasias acabamos estragando todo. Case tódalas mulleres son inestables e caprichosas. Esto ten que ser algunha ventada que lle deu á súa dona, debido a unha ou a varias razóns que nin vostede nin eu temos ningunha necesidade de desentrañar. Pero xa lle pasará, sen máis, especialmente se a deixa vostede en paz. Faga que veña a verme. —Non podo. Non atoparía un motivo válido –obxectou o señor Pontellier. —Entón, pasarei eu a vela –dixo o doutor–. Heime deixar caer a cear algunha noite, en bon ami[31]. —¡Fágao, por suposto! –insistiu o señor Pontellier–. ¿Que noite virá? ¿Parécelle ben o xoves? ¿Virá o xoves? –preguntou, poñéndose en pé para retirarse. —Moi ben, o xoves. Pode que a miña dona me teña comprometido algo para o xoves. Se así for, fareillo saber. Do contrario, irei. O señor Pontellier revirouse antes de saír e dixo: —Vou facer pronto unha viaxe de negocios a Nova York. Teño un proxecto moi importante entre mans e quero estar no lugar axeitado para manexar tódolos resortes. Podemos metelo no negocio, doutor, se vostede quere –dixo rindo. —Non, agradézollo, meu querido amigo –contestou o doutor–. Prefiro deixar eses asuntos para vostedes, os mozos, que inda lles corre no sangue a febre das aventuras. —O que quería dicir –continuou o señor Pontellier, coa man no tirador–, é que podo verme na obriga de permanecer ausente durante bastante tempo. ¿Aconséllame que leve a Edna comigo? —Por suposto, se ela o desexa. Se non, déixea aquí. Non lle leve a contraria. Xa lle pasará a arroutada, créame. Pode durarlle un, ou dous, ou tres meses, posiblemente máis, pero xa lle pasará, teña paciencia. —Adeus, pois, à jeudi [32]–dixo o señor Pontellier, ó saír. Ó doutor gustaríalle preguntarlle no medio da conversa: "¿Hai algún home por medio?", pero coñecendo tan ben aquel crioulo sería mete-lo zoco. Non recomezou a súa lectura de contado; quedou meditabundo por uns instantes, sentado coa vista no xardín.
XXIII O pai de Edna atopábase na cidade, con eles, dende había varios días. Edna non tiña un relación afectiva moi estreita con el, pero ambos compartían certos pasatempos, e, en mutua compaña, levabánse ben. A súa chegada supuxo unha especie de contratempo ben recibido; proporcionoulle unha nova orientación as súas emocións. Viñera merca-lo agasallo de voda da súa filla Janet e un traxe que lle conferise un aspecto digno no casamento. O agasallo escolleuno o señor Pontellier, porque tódolos que tiñan algunha relación con el confiaban sempre no seu gusto para este tipo de cousas. O seu asesoramento en cuestión de vestimenta –materia que crea problemas ben a miúdo– foi de inestimable valor para o sogro. Con todo, o ancián cabaleiro levaba xa varios días nas mans de Edna, quen, na súa compaña, estaba familiarizándose coa nova armazón de sensacións. Fora antigo coronel do exército da Confederación e inda mantiña o grao e, con este, a compostura militar que sempre o acompañou. Tiña o pelo e o bigote brancos, coma de seda, o cal facía que lle resaltase o bravo bronceado do seu rostro. Era alto e delgado, pero as ombreiras que levaba nas chaquetas conferíanlle unha ficticia amplitude de ombros e de tórax. Edna e mailo seu pai xuntos tiñan un aspecto moi distinguido. Creaban unha gran expectación nos seus paseos. Á súa chegada, o primeiro que fixo Edna foi levalo ó estudio para facerlle un debuxo. El tomou a cousa totalmente en serio. O talento da súa filla non lle causaría ningunha sorpresa anque fose dez veces maior, porque estaba no convencemento de que legara a tódalas súas fillas o xerme da mestría. Dependía delas encamiña-los seus esforzos ata o triunfo. Sentouse ríxido e impávido ante o pincel, como antano se enfrontara á boca dos canóns. Tomaba moi a mal que entrasen os nenos, que se quedaban a mirar para el pasmados, sorprendidos ó velo pousar tan teso no luminoso estudio da nai. Cada vez que se achegaban a el, apartábaos cun expresivo aceno de pé, non disposto a muda-las fixas liñas da súa faciana, dos seus brazos e dos seus ríxidos ombros. Edna, na súa ansia por facilitarlle diversión, convidou a Mademoiselle Reisz a coñecelo, non sen antes prometerlle a seu pai o agasallo de escoitala tocar ó piano; pero Mademoiselle declinou a invitación. De xeito que asistiron xuntos a unha das soirées musicales[33] na casa dos Ratignolle. Monsieur Ratignolle e Madame Ratignolle agasallaron con tódalas atencións ó coronel, colocándoo no sitio de honra e comprometéndoo en seguida a cear con eles o domingo seguinte, ou calquera outro día que el escollese. Madame estivo a coquetear con el do xeito máis encantador e inxenuo, con miradas, xestos e tal profusión de cumpridos, que a vella cabeza do coronel, dende o alto dos seus acolchados ombros, sentiuse trinta anos máis nova. Edna, sorprendidísima, non era quen de comprendelo. Ela estaba case desprovista de coquetería. Durante a soirée musicale detivera a súa atención nalgún que outro dos cabaleiros, pero nunca se lle tería pasado pola cabeza acudir a unha exhibición de monadas para engaiola-la súa atención, nin expresarse ante eles por medio de astucias femininas ou gatuñas. A personalidade daqueles homes atraíana de xeito pracenteiro. Como era ela, na súa fantasía, quen os escollera, alegrouse de que un intermedio da música lles dese a oportunidade de presentarse e establecer conversa. A miúdo, indo pola rúa, quedáralle lacazaneando na lembranza a expresión duns ollos descoñecidos, producíndolle, ás veces, certo desacougo. O señor Pontellier non asistía a esas soirées musicales. Considerábaas bourgeois[34], e pasábao mellor no club. A Madame Ratignolle dicíalle que a música que tocaba nas súas soirées era demasiado profunda, fóra do alcance dos seus inexpertos coñecementos. Esta escusa afagaba a Madame Ratignolle, que tiña mala opinión do club do señor Pontellier e que era franca abondo para dicirllo a Edna. —¡Que mágoa que o señor Pontellier non quede máis na casa polas noites! Se así fose, coido que estarían vostedes máis..., se me permite dicilo, máis unidos. —¡Oh non, meu Deus! –dixo Edna, sen ningunha expresión na súa mirada–. ¿Que ía facer eu se quedase na casa? Non teriamos cousa que nos dicir. No que ó falar respecta, tampouco o seu pai tiña moito que contarlle; pero el non lle levaba a contraria. Edna descubriu que lle resultaba interesante, anque era consciente de que o seu interese non había durar moito. Por primeira vez na súa vida, Edna tiña a impresión de coñecelo de verdade. Ademais, o feito de ter que atendelo e prove-las súas necesidades, mantíñana ocupada. Divertíaa facelo. Non permitiría que nin os serventes nin os nenos fixesen por el nada que ela mesma puidese facer. O seu home decatouse, e pensou que era a expresión dun profundo vencello filial, do que endexamais sospeitara a existencia. O coronel bebía, ó longo da xornada, un bo número de ponches que, con todo, deixábano tan fresco. Era un experto en facer mesturas con bebidas fortes; mesmo inventara unhas cantas combinacións, ás que lles daba nomes fantásticos. A súa preparación requiría varios ingredientes correspondéndolle a Edna a súa obtención. O xoves, durante a cea cos Pontellier, o doutor Mandelet non atopou na señora Pontellier nin rastro do estado enfermizo do que lle falara o seu home. Estaba excitada e, en certo modo, radiante. Fora co seu pai ás carreiras de cabalos e, cando sentaron á mesa, inda seguían ámbolos dous coa mente mergullada nos acontecementos da tarde e a falar da carreira. O doutor non estaba ó corrente en cuestións de hípica. Tiña algunha lembranza das carreiras do que el daba en chamar "os bos tempos pasados", de cando estaban no seu apoxeo as cortes de Lecompte. Tivo que recorrer a esa reserva da memoria para non quedar á marxe e non da-la impresión de estar totalmente desprovisto do espírito dos tempos. Pero non logrou enganar ó coronel, e inda estivo lonxe de impresionalo cos seus amañados coñecementos dos días de antano. Edna emprestoulle cartos ó pai na última aposta, acadando ámbolos dous resultados moi satisfactorios. Ademais, atoparon con xente que ó coronel lle parecera encantadora. Uníranse a eles a señora Mortimer Merriman e a señora James Highcamp, que estaban con Alcée Arobin. Fixéranlles pasar intres tan animados, que o coronel inda se entusiasmaba ó lembralo. O señor Pontellier non sentía especial inclinación polas carreiras de cabalos, e incluso tendía a desaconsellalas como pasatempo, especialmente cando pensaba no destino da granxa de herba azul de Kentucky. Tratou de expresar, en termos xerais, a súa persoal desaprobación, pero o único que acadou foi desencadea-la ira e o ánimo adverso do seu sogro. Armouse unha quente discusión, na que Edna, con todo entusiasmo, apertou a causa do seu pai. O doutor mantívose neutral, observando á anfitriona cunha mirada atenta que as súas hirsutas cellas protexían. Estaba apreciando un cambio sutil nela, algo que transformara aquela muller apática que el coñecía nun ser que naqueles intres semellaba palpitar coa forza da vida. Falaba dun xeito efusivo e enérxico, non había represión nin na súa mirada, nin nos seus xestos. Facíalle pensar nun animal fermoso e lustroso que se espelía ó sol. A cea foi excelente. O clarete estaba a temperatura ambiente e a champaña fría. Baixo esta benéfica influencia as ameazadoras desavenencias esfumáronse ata esvaecerse cos vapores do viño. O señor Pontellier, que se animara, púxose evocador. Contou experiencias divertidas da plantación, lembranzas do vello Iberville e da súa xuventude, de cando cazaba sarigüeias en compañía dos seus amigos de cor e batían as árbores de pacana, a tiros co picogordo, vagabundeando, na enguedellante ociosidade, polas fragas e polos campos. O coronel, con escaso sentido do humor e da oportunidade, referiu un triste episodio daqueles días escuros e amargos nos que el desenvolvera un papel importantísimo, sempre como personaxe principal. Tampouco o doutor foi máis afortunado na súa elección. Referiu a vella, curiosa e sempre nova historia do ocaso do amor dunha muller que, logo de experimentar camiños novos e insólitos, acababa por regresar á lexitimidade, ó punto de partida, tras uns días de fero desacougo. Era un dos moitos e pequenos documentos humanos que se lle revelaran durante o exercicio da súa prolongada carreira como médico. A historia non pareceu que impresionase a Edna de xeito especial. De feito, ela tamén contou unha historia do mesmo teor, a da muller que fuxiu certa noite co seu amante, nunha piragua para non volveren xamais. Perdéronse ambos por entre as illas Baratarias, e ninguén volveu saber nada deles. Ata daquela, non aparecera por ningures nin rastro da súa presencia. Era unha pura fantasía. Edna afirmou que lle contara esa historia Madame Antoine. Pero tamén iso era pura invención. Poida que o soñase. Mais todas e cada unha das súas verbas soaron autenticas ós que as estaban a escoitar. Podían percibi-lo cálido alento da noite sureña e o longo escorregar da canoa sobre a auga escintilante á luz da lúa, o bater das ás dos paxaros cando, sobresaltados, saían voando das canaveiras que medraban nas pozas de auga salgada; podían ve-los rostros dos amantes, pálidos, unidos, arrebatados en inconsciente desmemoria, navegando á deriva cara ó descoñecido. A champaña estaba fría, e sutís vapores crearon fantasías na memoria de Edna aquela noite. Fóra, lonxe do resplandor do lume e da suave luz da lámpada, a noite estaba lóbrega e fría. O doutor pechou a súa anticuada capa sobre o peito mentres camiñaba cara ó seu fogar na escuridade. Coñecía ós seus semellantes mellor cá maioría da xente; coñecía aquela vida interior que tan raramente se revela ós ollos dos non iniciados. Lamentaba ter aceptado a invitación de Pontellier. Estaba facéndose vello e necesitaba repouso e te-lo espírito en paz. Non quería que o forzasen a coñece-los segredos doutras vidas. —Espero que non sexa Arobin –murmurou para si, mentres camiñaba–. Prégolle ó ceo que non sexa Arobin.
XXIV Edna e mailo seu pai tiveron unha discusión acalorada, case que violenta por mor da negativa de Edna a asistir á voda da súa irmá. O señor Pontellier decidiu manterse á marxe sen pór en xogo nin a súa influencia, nin a súa autoridade. Seguía así o consello do Doutor Mandelet, deixándoa face-lo que quixese. O coronel botoulle na cara á súa filla a falla de afecto e de respecto filial, a carencia de agarimo fraternal e de consideración feminina. Os seus argumentos eran forzados e pouco convincentes. Dubidaba que Janet fose aceptar algunha escusa, esquecendo que Edna non lla presentara. Tamén dubidaba que Janet lle volvese dirixi-la palabra á súa irmá pero estaba seguro de que Margaret non o faría. Edna alegrouse de desfacerse do pai cando este, ó cabo, decidiu marchar cos seus atavíos para o casamento, os agasallos para a voda, ombreiras, lecturas bíblicas, ponches e rimbombantes xuramentos. O señor Pontellier seguiuno pouco despois. Tiña a idea de facer un alto, camiño de Nova York, para asistir á voda e, por tódolos medios que o afecto e os cartos puidesen concibir, tratar de compensar dalgún xeito o incomprensible comportamento de Edna. —Es indulxente de máis, Léonce –afirmou o coronel–. Aquí, o que ven ó caso é autoridade e man dura. Actúa con severidade e firmeza. É o único xeito de manexa-la muller dun. Dígocho eu. Cabe pensar que o coronel non fose consciente de que el, á forza de man dura, levara a muller á sepultura. O señor Pontellier sospeitábao de maneira vaga, pero non considerou oportuno mencionalo a aquelas alturas. Cando marchou o seu home, Edna non tivo tanta conciencia da súa propia ledicia coma cando marchou o seu pai. A medida que se ía achegando o día no que tería que deixala, por unha tempada relativamente longa, Edna foise poñendo tenra e agarimosa, lembrando as moitas consideracións e reiteradas mostras de ardoroso afecto. Manifestou inquedanza pola súa saúde e a súa comodidade. Ía e viña, ocupada coa roupa del, sen esquece-las pezas interiores de moito abrigo, tal como tería feito Madame Ratignolle en semellantes circunstancias. Botou a chorar no momento da despedida, chamándolle querido amigo e amigo da alma, dicíndolle que estaba completamente segura de que se ía sentir moi soa e de que acabaría por xuntarse axiña con el en Nova York. Pero, despois de todo, tan pronto como, por fin, se atopou soa, sentiu que se instalaba no seu espírito unha paz radiante. Mesmo marcharan os nenos. A propia Madame Pontellier nai viñera en persoa para levalos con ela a Iberville coa neneira mulata. A vella señora non se atreveu a dicir que temía que os nenos non estivesen ben atendidos durante a ausencia de Léonce. A penas se atrevía a pensalo. Estaba desexando telos con ela, cun afecto que case raiaba no arrebato. Non quería que fosen totalmente "nenos de asfalto", dicía cada vez que suplicaba que llos deixasen por unha tempada. Desexaba que coñecesen o campo, cos seus regatos e leiros, coas súas fragas e a súa liberdade, que tan estimulantes resultaban para a xente nova. Quería que coñecesen a vida que o seu pai vivira, coñecera e amara cando era pequeño coma eles. Ó quedar soa, Edna exhalou un auténtico e fondo suspiro de conforto. Sobreveulle unha sensación descoñecida, pero que lle resultaba deliciosa. Andou por toda a casa, de cuarto en cuarto, coma se a inspeccionase por primeira vez. Foi probando as diversas cadeiras e sofás, coma se nunca antes se sentase ou recostase neles. Deambulou polo exterior da casa, investigando, comprobando se as fiestras e os postigos estaban ben pechados e en orde. As flores eran as súas novas amigas; achegouse a elas con toda a confianza, e sentiuse a gusto no medio delas. Como había humidade nos carreiros do xardín, chamou á doncela para que lle trouxese as sandalias de goma. E alí quedou, dobrando o lombo para furgar arredor das plantas e recompoñelas, arrancándolle-las follas mortas e secas. Fixo a súaaparición o canciño dos nenos, estorbando e atravesándoselle no camiño. Ela fungoulle, riu, e púxose a xogar con el. Recendía tan ben o xardín, e estaba tan fermoso á luz da tarde... Edna recolleu tódalas flores de cores vivas que puido atopar, e entrou con elas na casa, seguida do canciño. Mesmo a cociña adquiriu de súpeto unha personalidade interesante que ata entón pasara inadvertida para ela. Entrou para darlle instruccións á cociñeira no sentido de que o carniceiro debía reducir moito o aprovisionamento de carne, e de que non necesitarían máis que a metade das cantidades habituais de pan, leite e ultramarinos. Tamén lle dixo á cociñeira que ela ía estar moi ocupada durante a ausencia do señor Pontellier e que, por favor, se fixese cargo da administración e control da despensa. Edna ceou soa aquela noite. No centro da mesa, os candelabros, reducidos a unhas poucas candeas, daban toda a luz que necesitaba. Máis aló do círculo de luz no que estaba sentada, o grande comedor tiña unha aparencia solemne e lóbrega. A cociñeira, facendo uso da súa valía, serviu unha comida deliciosa: un exquisito solombo asado, no seu punto. O viño estaba bo, e resultou que o marron glacé [35]era xustamente o que lle apetecía. Ademais, resultaba tan agradable cear vestida cun cómodo batín... Púxose un pouco sentimental ó lembrar a Léonce e os nenos, preguntou para si qué estarían a facer. Mentres lle daba ó canciño un par de saborosos anacos de carne, faloulle de Étienne e de Raoul coma se fose o seu amigo máis íntimo. O can estaba axitadísimo pola sorpresa e o pracer que lle produciran tantos agasallos e tantas garatuxas, e amosaba o seu afecto con secos e fortes ladros, acompañados de vivos movementos. Despois de cear, Edna sentou na biblioteca e estivo lendo a Emerson ata que lle deu o sono. Era consciente de que que tiña moi abandonados os libros, e tomou a resolución de volverse integrar nun proceso de mellora dos seus estudios, agora que podía dispor do seu tempo para face-lo que lle petase. Logo de tomar un refrescante baño, foise deitar. Ó acocharse comodamente baixo o edredón invadiuna unha sensación de repouso que ata entón non experimentara.
XXV Edna era incapaz de traballar con tempo escuro e nubrado. Necesitaba que o sol prendese nela para abrandarlle e atemperarlle o ánimo. Acadara un punto no que xa non lle parecía andar ás apalpadelas, e, cando estaba de humor, traballaba con seguridade e comodidade. Como carecía de ambición e non loitaba por un fin concreto, o traballo satisfacíaa por si mesmo. Nos días de choiva ou de melancolía, Edna saía na procura dos amigos que fixera en Grand Isle. Ou ben quedaba na casa, alimentando un estado de ánimo que xa se lle ía facendo familiar de máis, para a súa propia comodidade e paz interior. Non estaba desesperada, pero tiña a impresión de que lle pasaba a vida por diante, rompendo e incumprindo tódalas promesas. E, con todo, había días nos que poñía a orella a tódalas novas promesas que a súa xuventude lle facía, deixándose levar e enganar por elas. Foi unha e outra vez ás carreiras. Alcée Arobin e a señora Highcamp foron recollela, unha tarde luminosa, na carruaxe de Arobin. A señora Highcamp, anque muller mundana, era sinxela e intelixente; delgada, alta e rubia, arredor da corentena; o seu comportamento non chamaba a atención, e posuía uns penetrantes ollos azuis. A súa filla servíalle de pretexto para cultiva-la compañía dos mozos de moda. Un destes era Alcée Arobin, personaxe habitual das carreiras de cabalos, da ópera e dos clubs de moda. Había nos seus ollos un perpetuo sorriso que case sempre lograba espertar un sentimento recíproco de ledicia en quen miraba e escoitaba a súa voz xovial. Era un home tranquilo e, ás veces, un pouco insolente; boa figura, rostro agradable, que non reflectía o peso de ideas ou pensamentos demasiado profundos; o seu xeito de vestir era normal en alguén que seguía a moda. Comezou a sentir unha desmedida admiración por Edna dende o día que a coñeceu nas carreiras, co seu pai. Xa coincidira con ela noutras ocasións, pero ata aquel día parecéralle inaccesible. Foi el quen instigou á señora Highcamp a que chamase, para que fose con eles ó Jockey Club presencia-la carreira máis importante da temporada. Quizabes algún dos que traballaban no hipódromo sabería tanto de cabalos coma Edna; pero, ninguén, sen dúbida, a superaba. Sentou entre os dous acompañantes coma quen ten autoridade para toma-la palabra. Riu dos finxidos coñecementos de Arobin e deplorou a ignorancia da señora Highcamp. Os cabalos de carreiras eran para ela coma amigos e compañeiros íntimos da súa infancia. O aire das cortes e o recendo a herba azul dos picadeiros reviviron na súa memoria quedándolle prendidos ó olfacto. Non se decatou de que estaba falando coma o seu pai, cando desfilaron perante eles os lustrosos cabalos castrados. Apostou moi forte, e sorriulle a fortuna. A febre do xogo acendeulle as meixelas e mailos ollos, e penetrou no seu sangue e cerebro coma un tóxico. A xente viraba a cabeza para mirala, e máis dun prestaba atención ás súas verbas, coa esperanza de detectar nelas a anhelada e sempre escorregadiza "información". Arobin contaxiouse da excitación de Edna, que o arrastraba cara a ela coma un imán. A señora Highcamp, coma decote, ficaba inmóbil, coa súa mirada indiferente e as cellas altas. Edna quedou a cear na casa da señora Highcamp, ante a insistencia da que foi obxecto. Arobin despediu a súa carruaxe e quedou tamén. Foi unha cea tranquila, desprovista de interese, salvante os entusiastas esforzos de Arobin por anima-la cousa. A señora Highcamp deploraba o feito de que a súa filla non asistise ás carreiras, e tentou convencela do que perdera por ir á Conferencia sobre Dante en lugar de ir con eles. A moza, achegou unha folla de xeranio ó nariz e non dixo nada, pero parecía intelixente e reservada. O señor Highcamp, un home sinxelo e calvo, que non falaba máis que cando se vía forzado a facelo, ficaba indiferente. A señora Highcamp estaba chea de delicada cortesía e de consideración cara ó seu home. A el dirixiu a meirande parte da súa conversa na mesa. Despois de cear, ámbolos dous sentaron na biblioteca, á luz da lámpada, para leren xuntos os xornais da tarde, mentres que os máis novos pasaban ó salón contiguo para conversar. A señorita Highcamp tocou ó piano unha selección de Grieg. Parecía que captara toda a frialdade do compositor, pero nada da súa poesía. Mentres escoitaba, Edna non puido evitar preguntarse se tería perdido o seu gusto pola música. Chegado o momento de regresar á casa, o señor Highcamp, nun murmurio, ofreceuse sen ningún entusiasmo para acompañala, mentres miraba, con indiscreta preocupación, para os pés enfundados nas zapatillas. Foi Arobin quen a levou á casa. O camiño en coche foi longo, e xa era tarde cando chegaron a Esplanade Street. Arobin preguntou se podía entrar un segundiño, para acender un cigarro, porque rematara os mistos. Encheu a caixa, mais non acendeu o cigarro ata que marchou, cando Edna lle fixo saber que iría con moito gusto acompañalo de novo ás carreiras. Edna non estaba cansa, nin tiña sono. Tiña fame outra vez, porque a cea dos Highcamp, inda que de excelente calidade, non fora abundante. Furgando na despensa, atopou unhas lascas de gruyère [36]e unhas galletas. Tamén abriu unha botella de cervexa que atopou na neveira. Sentíase tremendamente inqueda e nerviosa. Mentres avivaba as brasas do lume de leña, cantaruxaba distraidamente unha toada estraña, ó tempo que mordía na galleta. Desexaba que lle acontecese algo; calquera cousa; non sabía qué. Lamentaba non terlle proposto a Arobin que ficase media hora máis, para falaren de cabalos. Contou os cartos que gañara; pero, á falla de nada mellor que facer, foise á cama e estivo dando voltas durante horas cunha especie de monótona axitación. Na metade da noite lembrou que lle esquecera escribi-la carta habitual ó seu marido, e decidiu facelo o día seguinte, contándolle a tarde no Jockey Club. Ficou deitada, completamente esperta, compoñendo unha carta que non tivo nada que ver coa que escribiu o día seguinte. Cando a doncela a espertou pola mañá, Edna estaba a soñar co señor Highcamp, que tocaba o piano á porta dunha tenda de música de Canal Street, mentres a súa dona lle dicía a Alcée Arobin ó subir a un coche en Esplanade Street: —¡Que mágoa que se desaproveite tanto talento! Pero teño que marchar. Cando, poucos días despois, Alcée Arobin veu na súa carruaxe buscar a Edna, a señora Highcamp non estaba con el. Alcée dixo que ían recollela, pero, como non advertira á dama das súas intencións, esta non se atopaba na casa. A súa filla saía naquel momento para asistir a unha xuntanza do grupo da Folk Lore Society, e lamentaba non podelos acompañar. Arobin pareceu desconcertado, e preguntoulle a Edna se había alguén a quén quixese convidar. Edna pensou que non pagaba a pena ir buscar a ningunha das elegantes amizades das que ela mesma se afastara. Pensou en Madame Ratignolle, pero sabía que a súa fermosa amiga non saía da casa, excepto para dar, co seu marido, unha lánguida volta á redonda, despois do solpor. Mademoiselle Reisz faría risa dunha proposta tal. Madame Lebrun gozaría coa saída, pero, por algunha razón, a Edna non lle apetecía. Así que ela e mais Arobin marcharon sós. A tarde foi realmente fascinante para Edna. A excitación volveu prender nela coma unha febre intermitente. A charla entre eles fíxose familiar e confidencial; non custaba traballo intimar con Arobin. A súa maneira de ser invitaba doadamente á confidencia. Os pasos preliminares á amizade eran algo que sempre se esforzaba por ignorar cando se trataba duna muller fermosa e atractiva. Arobin quedou a cear con Edna. Ficou sentado a carón do lume de leña. Riron e charlaron. Antes de que fose hora de marchar, xa lle estaba dicindo a Edna o diferente que tería sido a súa vida de coñecela uns anos atrás. Falou con inxenua franqueza do traveso e indisciplinado que fora de novo, e, impulsivamente, arremangou o puño para exhibir no seu pulso o sinal dunha ferida de sabre que recibira nun duelo nas aforas de París, cando tiña dezanove anos. Mentres examinaba a cicatriz vermella da cara interna do seu branco pulso, Edna tocoulle na man. Un rápido pulo, en certo xeito espasmódico, contraeu os seus dedos coma unha garra sobre a man de Arobin. El sentiu a presión das afiadas unllas na carne da palma. Edna ergueuse a correr e dirixiuse cara a repisa da cheminea. —Ver unha ferida ou unha cicatriz sempre me impresiona e ponme enferma –dixo–. Non a debín mirar. —Prégolle me perdoe –suplicoulle el, seguíndoa–; nunca se me ocorreu que puidese ser repulsiva. Quedou de pé, ó seu carón, e a insolencia da súa mirada escorrentou a antiga e esvaecida identidade de Edna, facendo brota-la súa emerxente sensualidade. El viu indicios abondos no seu rostro para decidirse a collerlle a man e reterlla, mentres demoraba dándolle as boas noites. —¿Ha de vir algunha outra vez ás carreiras? –preguntoulle. —Non –dixo ela–. Xa tiven carreiras abondas. Non quero perder tódolos cartos que gañei e, ademais, cando o tempo é luminoso teño que traballar, en vez de... —Si, traballe; non deixe de facelo. Prometeume que me había de amosa-lo que está a facer. ¿Que día podo subir ó seu estudio? ¿Mañá? —Non. —¿Pasado mañá? —Non, non. —Oh, por favor, ¡non me rexeite! Sei algo dese tema. Podería axudarlle cun par de suxestións de aquí e de acolá. —Non, boas noites. ¿Por que non lisca despois de da-las boas noites? Non me gusta vostede –continuou dicindo en ton alto e acalorado, intentando afasta-la man. Notaba que lles faltaban sinceridade e convicción ás súas verbas, e que el se decataba. —Sinto non gustarlle. Lamento tela ofendido. ¿Como puiden ofendela? ¿Que fixen? ¿Non me pode perdoar? –e inclinouse, premendo os beizos sobre a man de Edna coma se non desexase afastalos nunca máis. —Señor Arobin –protestou ela–, estou tremendamente confundida pola axitación desta tarde; non son eu mesma. O meu estado de ánimo puido confundilo en certo modo. Desexo que faga o favor de se marchar. Falaba nun ton aburrido e monótono. El colleu o sombreiro da mesa, e permaneceu de pé, coa mirada volta cara ó outro lado, contemplando o lume morredizo. Durante un ou dous segundos, gardou un impresionante silencio. —O seu estado de ánimo non me confundiu, señora Pontellier –dixo por fin–. Foron os meus propios sentimentos. Non podo evitalo. ¿Como podería evitalo téndoa preto de min? Non lle dea máis voltas, non se amole, por favor. Xa ve, marcho cando mo pide. Se desexa que quede, fareino. Se me permite volver, eu... ¿Deixaríame volver? Botoulle unha ollada suplicante, á que ela non respondeu. O xeito de comportarse Alcée Arobin era tan franco, que se enganaba a el mesmo con frecuencia. A Edna non lle importaba, nin pensou se o seu comportamento era ou non era sincero. Cando quedou sola, mirou mecanicamente o dorso da man que el bicara con tanto afecto. Despois, inclinou a cabeza sobre a repisa da cheminea. Sentíase, en certo modo, como unha muller que nun momento de paixón se abandonase a un acto de infidelidade, e se decatase do que a acción significa, sen ser totalmente consciente da súa fascinación. "¿Que pensaría el?" A idea cruzou vagamente pola súa cabeza. Non se refería ó seu home; estaba pensando en Robert Lebrun. O seu marido parecíalle agora alguén co que casara sen amor, coma unha escusa. Acendeu unha vela e subiu ó seu dormitorio. Alcée Arobin non significaba absolutamente nada para ela. Con todo, a súa presencia, as maneiras, a dozura da súa mirada e, sobre todo, o contacto dos seus beizos coa man tiveran un efecto narcotízante nela. Durmiu un sono lánguido intercalado de fugaces fantasías.
XXVI Alcée Arobin escribiu unha elaborada nota de desculpa, palpitante de sinceridade. Edna sentiuse desconcertada, porque nun momento máis frío e máis tranquilo, parecería absurdo que tomase todo aquelo tan dramaticamente en serio. Estaba segura de que toda a importancia daquel incidente xacía na súa propia conciencia. De ignora-la nota, daríalle excesiva relevancia a un asunto tan trivial. De contestala en ton serio, quedaría na mente de Arobin a impresión de que, nun momento de susceptibilidade, ela rendérase á súa influencia. Despois de todo, non era para tanto o feito de que a unha lle bicasen a man. Edna tomou como unha provocación a nota de desculpa, e contestoulle no ton lixeiro e burlón que creu que merecía, dicíndolle que lle gustaría que viñese vela traballar cando lle apetecese e os seus negocios llo permitisen. El respondeu de contado, presentándose na súa casa cunha inxenuidade desarmante. E, dende entón, a penas pasou un día sen que Edna o vise ou recordase. Era prolífico en pretextos. A súa actitude chegou a ser dun xovial servilismo e tácita adoración. Estaba sempre disposto a someterse ó humor dela, que tan pronto era amable como frío. Edna íase afacendo a el. Chegaron a facerse íntimos amigos, imperceptiblemente ó comezo, pero despois a pasos axigantados. Ás veces, el falaba dun xeito que ó principio a desconcertaba e ruborizaba, pero que acabou gustándolle, suscitando a sensualidade que se axitaba no seu interior. Non había nada que aquietase tanto a axitación de Edna coma unha visita de Mademoiselle Reisz. Foi entón, en presencia daquela personalidade agresiva, cando aquela muller, coa súa sublime arte, semellou alcanza-lo espírito de Edna e ceibalo. Era unha tarde bretemosa, cunha atmosfera pesada e baixa cando Edna subiu as escaleiras do apartamento que a pianista tiña no ático. As súas roupas estaban empapadas coa humidade. Estaba conxelada e esvaecida cando entrou no cuarto. Mademoiselle estáballe atizando ó lume dunha estufa ferrosa que fumeaba un pouco e a penas caldeaba a estancia. Estaba tratando de quentar unha cazola de chocolate na estufa. Cando Edna entrou, o cuarto parecía triste e suxo. Un busto de Beethoven, cheo de po, miraba para ela, co cello engurrado dende unha repisa da cheminea. —¡Oh, aquí chega a luz do sol! –exclamou Mademoiselle, e levantouse por diante da estufa onde estaba axeonllada–. Agora quentarase esto e haberá luz dabondo; xa podo deixa-lo lume só. Pechou de golpe a porta da estufa e achegouse, axudándolle a Edna a quita-lo impermeable, que chorreaba. —Ten vostede frío e semella triste. O chocolate estará quente axiña. Pero, ¿prefire un groliño de brandy? A penas lle toquei á botella que me trouxo para o catarro. Mademoiselle levaba un trapo de flanela vermella ó pescozo; o cabalo obrigábaa a leva-la cabeza de lado. —Tomarei un pouco de brandy –dixo Edna, tremendo mentres quitaba as luvas e os chancos de goma. Bebeu o licor do vaso coma un home. Despois, caendo sobre o incómodo sofá dixo: —Mademoiselle, voume mudar da miña casa de Esplanade Street. —!Oh! –exclamou a pianista, nin sorprendida, nin especialmente interesada. Nunca parecía asombrarse en demasía por nada. Estaba tentando axusta-lo ramallete de violetas que afrouxara do pasador que tiña no pelo. Edna fixo que se agachase ata o sofá e, collendo un prendedor do seu cabelo, asegurou as deslucidas flores artificiais no sitio habitual. —¿Non a sorprende? —A medias. ¿Onde vai ir? ¿A Nova York? ¿A Iberville? ¿Á casa de seu pai en Mississipi? ¿A onde? —Só a dous pasos –dixo Edna rindo–, a unha casiña de catro cuartos á volta da esquina. Cada vez que paso por diante paréceme tan acolledora, tan atractiva e tranquila... E alúgase. Estou cansa de coidar unha casa tan grande. Nunca me pareceu miña, ou, en calquera caso, non a sentín como meu fogar. Ten demasiados problemas. Teño que manter a moitos serventes. Estou cansa de ocuparme deles. —Ese non é o motivo real, ma belle[37]. A min non é necesario que me engane. Eu non coñezo os seus motivos, pero non me está a dici-la verdade. Edna non protestou, nin se esforzou en xustificarse. —A casa e os cartos que a manteñen non son meus. ¿Non son esas razóns abondas? —Son do seu marido –contestou Mademoiselle, encollendo os ombros e erguendo maliciosamente as cellas. —Oh, xa vexo que non hai quen de enganala. Direille a verdade: é un capricho. Teño uns poucos cartos completamente meus, da herdade da miña nai, que meu pai me manda con contagotas. Este inverno gañei unha boa suma nas carreiras e vou empezar a vende-los meus debuxos. A Laidepore gústanlle cada vez máis os meus traballos; di que van medrando en forza e individualidade. Eu non son quen de xulgalos dende dentro, pero sinto que gañei seguridade e confianza. Mais, como lle dixen, vendín bastante por medio de Laidepore. Podo vivir na casiña con pouco ou con nada. Apañareime cunha sirventa. A vella Célestine, que de cando en vez traballa para min, di que quedará comigo e que fará o traballo. Coido que me gustará vivir alí para sentirme libre e independente. —¿Que di o seu home? —Inda non llo comuniquei. Penseino esta mañá. Pensará que estou tola, non hai dúbida. Quizabes vostede tamén. Mademoiselle moveu lentamente a cabeza. —Inda non teño claro cáles son os seus motivos –dixo. Tampouco estaban claros para Edna; pero reveláronselle ó sentarse en silencio nun intre. Empurráraa o instinto a deixar de lado a xenerosidade do seu home ó deixar de serlle fiel. Non sabía o que ía acontecer cando el regresase. Tería que haber un acordo, unha explicación. As condicións iríanse axustando por si mesmas; pero, fose o que fose, decidira non volver pertencer xamais a ninguén máis que a si mesma. —Darei unha gran cea antes de marchar da casa vella –exclamou Edna–. Ten que vir, Mademoiselle. Servireille todo o que lle apeteza comer e beber. Cantaremos, riremos e seremos felices por unha vez –e lanzou un suspiro dende o máis fondo do seu ser. Se Mademoiselle tivese recibido unha carta de Robert no intervalo entre as visitas de Edna, habíalla dar sen necesidade de que llo pedise. Despois sentaríase ó piano e tocaría todo o que o seu estado de ánimo lle pedise mentres a moza lía a carta. A pequena estufa ruxía, estaba candente, e o chocolate saltaba da cazola. Edna inclinouse cara á estufa e abriu a porta; e Mademoiselle, erguéndose, colleu unha carta de debaixo do busto de Beethoven e entregoulla a Edna. —¡Outra! ¡Tan axiña! –exclamou, cos ollos cheos de entusiasmo–. Dígame, Mademoiselle, ¿sabe el que leo as súas cartas? —¡Endexamais! Se o soubese, habíase anoxar, e non volvería escribirme xamais. ¿Escríbelle a vostede? Nin unha liña. ¿Mándalle algunha vez unha mensaxe? Nin unha palabra. Iso é porque a ama. ¡Pobre infeliz! E está tentando esquecela, porque non é vostede libre nin para escoitalo nin para pertencerlle. —Entón, ¿por que me amosa vostede as súas cartas? —¿Non me suplicou que o fixese? ¿Acaso podo eu negarlle algo? Oh, non, non pode vostede enganarme. Mademoiselle achegouse ó seu amado instrumento e comezou a tocar. Edna non leu a carta de contado. Sentouse, sosténdoa na man, mentres a música penetraba todo o seu ser coma un resplandor, quecendo e iluminando os espacios escuros do seu espírito. Preparábaa para a ledicia e a exaltación. —¡Oh! –exclamou, deixando cae-la carta ó chan–. ¿Por que non mo dixo? –dirixiuse a Mademoiselle, colléndolle as mans do teclado–. ¡Oh, cruel, malvada! ¿Por que non mo dixo? —¿Que el viña? Non é unha sorpresa, ma foi[38]. Pregunto eu cómo non veu hai tempo. —Pero, ¿cando, cando? –berrou Edna, impaciente–. Non di cándo. —Di "moi axiña". Sabe vostede tanto coma min. Todo está na carta. —Pero ¿por que, por que vén? Oh, se soubese... –e recolleu a carta do chan e percorreu as páxinas de arriba abaixo, buscando a razón non expresada. —Se eu fose nova e estivese namorada dun home –dixo Mademoiselle, voltándose no meso e apertando as súas nodosas mans entre os xeonllos, mentres miraba a Edna, que estaba sentada no chan sostendo a carta–, paréceme que tería que ser dun grand esprit[39]; un home de elevadas aspiracións e con posibilidades de acadalas; alguén importante abondo como para atrae-la atención dos seus semellantes. Coido que se eu fose nova e estivese namorada, nunca consideraría merecedor da miña devoción a un home de calibre mediocre. —Agora é vostede a que está mentindo e tentando enganarme, Mademoiselle; ou se cadra xamais estivo vostede namorada e non sabe nada diso. ¿Por que supón vostede que unha muller coñece a causa do amor? –continuou Edna, collendo os xeonllos e erguendo a cara para mira-lo rostro contraído de Mademoiselle–. ¿Acaso elixe? Ou seica di: ¡Adiante! Aquí hai un distinguido estadista con posibilidades de presidente; procederei a namorarme del. Ou vou pó-lo meu corazón neste músico cunha fama que corre de boca en boca. Ou neste financeiro que controla o mercado mundial das finanzas. —Estame a mal entender intencionadamente, ma reine[40]. ¿Está vostede namorada de Robert? —Si –dixo Edna. Era a primeira vez que o admitía, e o rubor cubriulle a cara salpicándoa de pintiñas vermellas. —¿Por que? –preguntou a súa compañeira–. ¿Por que o ama se non debería facelo? Edna, en dous movementos, arrastrouse cos xeonllos ata pórse fronte Mademoiselle Reisz, que colleu entre as súas mans o rostro resplandecente. —¿Por que? Porque ten o pelo castaño e peiteado cara a atrás; porque abre e pecha os ollos e ten o nariz algo imperfecto; porque ten dous beizos e a mandíbula cadrada e o dedo maimiño agarrotado por xogar ó béisbol con demasiada gana na súa xuventude. Porque... —En resumo, porque si –riu Mademoiselle–. ¿Que fará vostede cando el regrese? —¿Facer? Nada, agás sentirme leda e feliz de estar viva. Xa se sentía leda e feliz de estar viva co simple pensamento da súa volta. O ceo sombrío e encapotado que a deprimira poucas horas antes parecía fortalecela e vigorizala mentres, de volta á casa, chapuzaba polas rúas. Fixo un alto na pastelería e pediu unha gran caixa de bombóns para os nenos que estaban en Iberville. Meteu na caixa unha tarxeta na que esborranchou unha tenra mensaxe e moreas de bicos. Antes de cear, á tardiña, Edna escribiulle ó seu marido unha carta encantadora, contándolle a súa intención de mudarse axiña á casiña situada ó outro lado da esquina e de dar unha cea de despedida antes de marchar, lamentando que el non estivese presente para participar, axudala no menú e colaborar con ela en entreter ós convidados. Era unha carta luminosa e brillante, ateigada de xovialidade.
XXVII —¿Que lle pasa? –preguntoulle Arobin aquela tarde–. Nunca a vin de tan bo humor. Edna atopábase cansa e tombárase no canapé, fronte ó lume. —¿Non sabe que os meteorólogos aseguran que verémo-lo sol axiña? —Daquela, iso debe de ser razón máis que suficiente –aceptou el–. Ademais, non me daría outra inda que me sentase aquí a implorarllo durante toda a noite. Acomodouse á beira dela nun sofá baixo, e á vez que falaba, tocaba cos dedos nunha guedella de pelo que caía sobre a fronte de Edna. A ela gustáballe o tacto dos seus dedos no pelo, e pechou os ollos con deleite. —Un día destes –dixo Edna–, vou buscar un momento de serenidade para pensar, para tratar de pescudar qué clase de muller son, porque sinceramente non o sei. Consonte os códigos de comportamento que coñezo, son un exemplar do meu sexo extraordinariamente perverso. Pero dalgún xeito non logro convencerme a min mesma do que son. Teño que pensar niso. —Non o faga. ¿De que serve? ¿Por que ten que preocuparse pensando niso, se eu podo dicirlle a clase de muller que é? –os dedos de Arobin afastábanse de cando en cando ata as cálidas e doces meixelas de Edna, e ata o firme queixo, un pouquiño cheo e con incipiente papo. —Oh, si, dirame que son adorable e unha morea de cousas encantadoras. ¡Aforre o esforzo! —Non, non lle direi nada diso, inda que mentiría de non o facer. —¿Coñece a Mademoiselle Reisz? –preguntou Edna, sen vir ó caso. —¿A pianista? Coñézoa de vista. Algunha vez téñoa escoitado tocar. —Ás veces di cousas curiosas, medio en broma, que nun principio un non toma en serio e nas que despois te atopas a pensar. —¿Por exemplo? —Ben, por exemplo, hoxe, cando marchaba, rodeoume cos seus brazos e tocoume as omoplatas para comprobar, segundo dixo, se as miñas ás eran fortes. O paxaro que quere remontarse por riba do nivel ordinario da tradición e os prexuízos debe ter fortes ás. É un triste espectáculo velos débiles, machucados e esgotados, bate-las ás de volta á terra. —¿A onde quere vostede elevarse? —Eu non penso en voos extraordinarios. Soamente a entendo a medias. —Segundo din, Mademoiselle Reisz está un pouco trastornada –dixo Arobin. —A min paréceme marabillosamente lúcida –respondeu Edna. —Dixéronme que é extremadamente desagradable e antipática. ¿Por que se puxo a falar dela no preciso momento en que eu desexaba falar de vostede? —Pois fale de min, se quere –exclamou Edna, cruzando as mans por detrás da cabeza–; pero déixeme pensar noutra cousa mentres o fai. —Estou celoso dos seus pensamentos esta noite. Fana estar un pouco máis amable que de costume, pero en certo modo sinto coma se vagase, coma se non estivese aquí comigo. Ela mirouno sorrindo. Os ollos del estaban moi preto. Alcée inclinouse sobre o canapé, pasando o brazo por diante dela, mentres a outra man inda descansaba sobre o seu pelo. Continuaron mirándose ós ollos en silencio. Cando el se inclinou cara a adiante e a bicou, ela apertou a súa cabeza mantendo os seus beizos unidos ós del. Era o primeiro bico da súa vida ó que a súa natureza respondera realmente. Era unha chama flamexante que inflamaba o desexo.
XXVIII Edna chorou un pouco aquela noite cando Arobin marchou. Era só unha fase das múltiples emocións que a embargaban. Abafábaa un sentido de irresponsabilidade. Estaba sorprendida polo inesperado e o desacostumado. Asaltábana os reproches do seu marido mirándoa dende as cousas externas que a rodeaban e que el proporcionara para a súa existencia, e tamén o reproche de Robert que se facía patente, espertando nela un amor máis vivo, violento e irresistible. Por riba de todo, había comprensión. Sentía coma se a brétema que lle tapaba os ollos se disipara, permitíndolle ver e comprende-lo significado da vida, ese monstro composto de beleza e de brutalidade. Pero entre as conflictivas sensacións que a asaltaban non había nin vergoña nin remordemento. Sentía unha feble aguilloada de mágoa, porque non era o bico do amor o que a acendera, porque non era o amor quen sostivera esta copa de vida nos seus beizos.
XXIX Sen esperar sequera a coñece-la resposta do seu marido no que se refería á súa opinión ou desexos respecto ó asunto, Edna apresurou os preparativos para deixa-la casa de Esplanade Street e mudarse á casiña do lado. Unha ansiedade febril acompañaba tódolos seus movementos nese rumbo. Non houbo nin un intre de deliberación, nin intervalo de repouso entre o pensamento e a súa posta en práctica. Ás primeiras horas da mañá que seguiron ó encontro de Arobin, Edna dispúxose a asegurar para si un novo fogar e a bulir nos amaños necesarios para ocupalo. Dentro do recinto da súa casa sentíase coma quen penetra e se demora no pórtico dun templo prohibido no que miles de voces amortecidas lle piden que marche. Todo o que lle pertencía na casa, todo o adquirido á marxe da xenerosidade do seu home, fixo que se transportase á outra casa, substituíndo cos seus propios recursos as poucas cousiñas que lle faltaban. Cando Arobin a visitou pola tarde, atopouna arremangada traballando en compañía dunha doncela. Estaba espléndida e robusta, e xamais estivera máis atractiva que con aquel vestido azul e o pano de seda vermella atado con descoido ó redor da cabeza para protexe-lo pelo do po. Cando entrou, Edna estaba subida no alto dunha escaleira, descolgando un cadro da parede. El atopara aberta a porta principal e, despois de chamar, decidira entrar sen cerimonias. —¡Baixe! –díxolle–. ¿Quere matarse? Edna recibiuno sen interese aparente, metida no seu quefacer. Se pensara que había esperalo abatida, chea de reproches ou abandonada ás sensibleiras bágoas, estaba a levar unha boa sorpresa. Sen dúbida el estaba preparado para calquera continxencia, listo para calquera das actitudes que ela adoptara anteriormente, adaptándose doada e naturalmente á situación coa que se enfrontaba. —Por favor, baixe –insistiu, sostendo a escaleira e mirando cara a arriba. —Non –respondeu ela–. A Ellen dálle medo subir á escaleira. Joe está a traballar no "pombal" (así o chama Ellen polo pequeno que é, e porque semella un pombal), e alguén ten que facer esto. Arobin quitou o abrigo e manifestou que estaba preparado para tenta-la sorte no seu lugar. Ellen tróuxolle un dos seu panos de cabeza para o po e cando llo viu colocar diante do espello, tan grotescamente como podía, empezou a escachar coa risa sen poder controlarse. Nin sequera Edna puido evitar sorrir cando lle pediu que llo atase. Así foi cómo el tomou o relevo e subiu á escaleira, para descolgar cadros e cortinas e desaloxar adornos baixo a dirección de Edna. Cando acabou quitou a toca da cabeza e saíu lava-las mans. Edna estaba sentada no tallo, con galbana, alisando as plumas do plumeiro ó longo da alfombra cando el volveu entrar. —¿Hai algo máis que me permita facer? –preguntou. —Xa está todo –contestou ela–. Ellen poderá aquela-lo resto. Edna mantivo ocupada a moza limpando no salón; receaba quedar alí a soas con Arobin. —¿Que hai de cea? –preguntou el–. O grande acontecemento, ¡O coup d´état[41]! —Será pasado mañá. Pero, ¿por que lle chama vostede o coup d´état? Será estupendo; sacarei as miñas mellores cousas: cristal, prata e ouro; Sèvres[42], flores, música, e nadaremos en champaña. Deixareille as facturas a Léonce. Pregúntome qué dirá cando as vexa. —¿E pregúntame por que lle chamo un coup d´état? Arobin puxera o abrigo e, de pé, ante ela, preguntoulle se tiña a garabata dereita. Ela respondeulle que si, e que a tiña xusto no canto do colo. —¿Cando marchará para o pombal, como ben di Ellen? —Pasado mañá. Despois de cear. Durmirei alí. —Ellen, ¿sería tan amable de traerme un vaso de auga? –preguntou Arobin–. O po das cortinas, se me perdoa que insinúe tal cousa, resecoume e irritoume a gorxa. —Mentres Ellen lle trae a auga –dixo Edna, erguéndose– vou con vostede a despedirme. Teño que liberarme de toda esta lorda, e hai unha morea de cousas que facer e nas que pensar. —¿Cándo a volverei ver? –preguntou Arobin, tratando de detela, unha vez que doncela xa saíra da estancia. —Na cea, por suposto. Está vostede convidado. —¿E non pode ser antes? ¿Esta noite, mañá pola mañá, mañá ó mediodía ou pola noite? ¿Non se decata, sen que teña que dicirllo, que é unha eternidade? Fora tras dela ata o recibidor e quedou mirándoa ó pé da escaleira, á vez que ela subía co rostro semivolto cara a el. —Nin un intre antes –dixo Edna. Pero a súa mirada e o seu sorriso déronlle a Arobin coraxe para esperar e, a súa vez, converter en tortura a espera.
XXX Inda que Edna falara da cea coma dun grande acontecemento, tratábase na realidade dunha pequena xuntanza selecta, dado que os convidados eran poucos e escollidos con criterio. Calculara que ó redor dunha ducia de persoas sentarían á mesa redonda de caoba, esquecendo naquel intre que Madame Ratignolle estaba moi souffrante[43] e impresentable, e sen prever que Madame Lebrun enviaría mil escusas no derradeiro momento. Así pois, só quedaban dez, que despois de todo era un número acolledor e cómodo. Estaban a señora Merriman, unha trintaneira cativa, fermosa e espelida; o seu marido, un tipo xovial, un pouco toleirán, que ría coas ocorrencias dos demais e que, debido a esto, facíase moi simpático. Acompañábaos a señora Highcamp. Por suposto estaban Alcée Arobin e Mademoiselle Reisz, que aceptara vir. Edna enviáralle un ramo de violetas naturais con detalles de encaixe negro para o pelo. Monsieur Ratignolle veu en persoa desculpando a ausencia da súa dona. Victor Lebrun, que daba a casualidade de que estaba na cidade entregado á diversión, aceptou con presteza. Estaba tamén unha tal señorita Mayblunt, que xa non era unha adolescente e miraba o mundo a través duns impertinentes con curiosidade entusiasta. Pensábase e dicíase que era unha intelectual; sospeitábase que escribía libros cun nom de guerre[44]. Ía cun cabaleiro, chamado Gouvernail, relacionado cun dos diarios, e do que non podía dicirse nada especial, agás que era atento e parecía tranquilo e inofensivo. Edna facía o número dez. Ás oito e media sentaron á mesa, con Arobin e Monsieur Ratignolle a ámbolos lados da anfitriona. A señora Highcamp acomodouse entre Arobin e Victor Lebrun. Despois estaban a señora Merriman, o señor Gouvernail, a señorita Mayblunt, o señor Merriman, e Mademoiselle Reisz xunto a Monsieur Ratignolle. A aparencia da mesa era espléndida: o mantel de satén amarelo pálido baixo as franxas de encaixe transmitía unha impresión de resplandor. Había candeas de cera nos macizos candelabros de cobre, ardendo suavemente baixo as sombras de seda amarela; unha abundancia de rosas fragrantes, en sazón, vermellas e amarelas. Había prata e ouro, tal e como ela dixera, e o cristal lampexaba coma as xoias que levaban as mulleres. Descartara para a ocasión as habituais cadeiras ríxidas do comedor, substituíndoas polas máis cómodas e luxosas, que lograra xuntar por toda a casa. A Mademoiselle Reisz, que era tan diminuta, colocáranlle coxíns coma ós nenos, que ás veces elevánse na mesa sobre grosos volumes. —¿É novo, Edna? –preguntou a señorita Mayblunt, cos impertinentes dirixidos a un magnífico conxunto de diamantes rutilantes que case chispeaban no pelo de Edna, xusto sobre a metade da fronte. —Bastante novo. En realidade, de estrea; é un agasallo do meu marido. Chegou esta mañá de Nova York. Teño que admitir que hoxe é o meu aniversario e fago vintenove. No seu momento, espero que beban á miña saúde. Entrementres, empezaremos con este cóctel fabricado... ¿Pódese dicir ‘fabricado’? –preguntou, apelando á señorita Mayblunt–. Pois foi ‘fabricado’ polo meu pai en honor á voda da miña irmá Janet. Ante cada un dos convidados había un vasiño que escintilaba co aspecto dunha pedra granate. —Daquela, despois de todo –falou Arobin–, non estaría de máis empezar brindando á saúde do coronel co cóctel que fabricou, no aniversario dunha das máis encantadoras das mulleres: a filla que el creou. A risa do señor Merriman ante esa ocorrencia foi unha explosión tan natural e contaxiosa que fixo que a cea comezase cun ritmo que non decaeu. A señorita Mayblunt suplicou que lle permitisen non tocar ó seu cóctel, para telo diante e podelo contemplar. ¡A cor era marabillosa! Non se podía comparar a nada do que vira antes, e os escintileos granates que emitía eran indiciblemente estraños. Declarou que o coronel era un artista, e insistiu nisto. Monsieur Ratignolle estaba disposto a toma-las cousas moi en serio: os mets, os entremets[45], o servicio, a decoración, e mesmo a xente; preguntoulle a Arobin se tiña algo que ver co cabaleiro do mesmo nome que formaba parte da firma Laitner & Arobin, avogados. O mozo admitiu que Laitner era un amigo persoal e moi querido, que permitía que o nome de Arobin decorase as cabaceiras da firma e que aparecese nun letreiro que adornaba Perdido Street. —Hai tanta xente preguntona e tal abundancia de institucións –dixo Arobin–, que, hoxe en día, un vese realmente forzado, por comenencia, a simula-la virtude dunha ocupación, se non se ten. Monsieur Ratignolle fitouno por un pedaciño, e volveuse para preguntar a Mademoiselle Reisz se cría que os concertos sinfónicos daquel ano estaban ó nivel dos do inverno anterior. Mademoiselle Reisz contestoulle en francés –o que a Edna lle pareceu un pouco groseiro naquelas circunstancias, pero característico dela–. Mademoiselle só tiña cousas desagradables que dicir dos concertos sinfónicos, e comentarios insultantes sobre os músicos de Nova Orleáns, persoal e colectivamente. Todo o seu interese parecía estar concentrado nas exquisiteces que tiña colocadas diante. O señor Merriman dixo que os comentarios de Arobin sobre a xente preguntona lembrábanlle a un home de Waco que coñecera había uns días en St. Charles Hotel; pero como as historias do señor Merriman eran sempre frouxas e faltas de chispa, a súa dona rara vez lle deixaba rematalas. Interrompeuno para preguntarlle se lle acordaba o nome do autor do libro que mercara a semana pasada para enviarllo a un amigo de Xenebra. Estaba falando de libros co señor Gouvernail, e trataba que el lle dese a súa opinión sobre temas literarios de actualidade. O seu marido contoulle a historia do home de Waco, nun aparte, á señorita Mayblunt, que finxiu atopala divertidísima e moi enxeñosa. A señora Highcamp escoitaba con lánguido interese, pero sen afectación, a cálida pero impetuosa verbosidade do seu veciño da esquerda, Victor Lebrun. Non deixou de prestarlle atención nin un minuto dende que sentou á mesa, e cando el se dirixiu á señora Merriman, máis bonita e vivaz ca señora Highcamp, esperou con natural indiferencia a oportunidade para reclama-la súa atención. Por veces, escoitábase música, un son de mandolinas, afastado abondo para resultar un acompañamento agradable sen empece-la conversa. Fóra, escoitábase o monótono e suave salpicar da auga dunha fonte, penetrando o son na estancia xunto co intenso recendo dos xasmíns, que entraban polas fiestras abertas. O resplandor dourado do vestido de satén de Edna espallábase a ambos lados dela en suntuosos pregues. Ó redor dos ombros levaba un suave adorno de encaixe. Era a cor da súa pel, sen a luminosidade e os infinitos tons naturais que se descobren ás veces na carne chea de vitalidade. Había algo na súa actitude, en todo o seu aspecto, cando reclinaba a cabeza contra a alta espaleira da súa cadeira e estendía os brazos, que lembraba unha raíña, que goberna, contempla e permanece soa. Pero sentada alí, entre os seus convidados, notou que a invadía un antigo desacougo; a desesperación que tantas veces se apoderaba dela coma unha teima, coma algo estraño, independente da vontade, algo ameazador; un alento frío que parecía provir dunha enorme caverna onde os conflictos se laiaban. Sobrevíñalle unha aguda morriña, que sempre evocaba na súa visión espiritual a presencia do amado, abafándoa de seguida coa sensación do inatinxible. O tempo pasaba, mentres un sentimento de boa camaradería atravesaba o círculo coma unha misteriosa corda, mantendo unidas e enlazando aquelas persoas con bromas e risas. Monsieur Ratignolle foi o primeiro en rompe-lo agradable encanto. Ás dez en punto desculpouse. Madame Ratignolle agardábao na casa. Estaba bien souffrante[46], chea de escuros temores que soamente a presencia do seu home podía aliviar. Mademoiselle Reisz ergueuse con Monsieur Ratignolle, que se ofreceu a acompañala ata o coche. Mademoiselle comera ben, e os magníficos e abundantes viños que probara deberan subirlle á cabeza, xulgando pola agradable reverencia coa que saudou ós presentes ó abandona-la mesa. Bicou a Edna no ombro, murmurándolle: "Bonne nuit, ma reine, soyez sage"[47]. Azorárase un pouco ó erguerse, ou, máis ben ó descender dos coxíns, e Monsieur Ratignolle colleuna galantemente do brazo e conduciuna ó exterior. A señora Highcamp estaba tecendo unha coroa de rosas amarelas e vermellas. Cando rematou a coroa, depositouna suavemente sobre os escuros rizos de Victor, que, reclinado cara a atrás na luxosa cadeira, sostiña unha copa de champaña a contraluz. Coma se lle tocase unha variña máxica, a coroa de flores tornouno nunha imaxe de beleza oriental. Tiña as meixelas da cor da uva prensada, e brillábanlle os ollos escuros cun lume ardente. —Sapristi! [48]–exclamou Arobin. Pero a señora Highcamp tiña unha pincelada máis que engadir ó cadro. Colleu da espaleira da súa cadeira un pano branco de seda, co que cubrira os ombros no comezo da cea, e colocouno arredor do mozo en graciosos pregues, de xeito que cubrise o seu traxe de tarde, negro e convencional. A el non parecía que lle importase o que ela lle fixese; unicamente sorría cun débil escintileo de dentes brancos, á vez que continuaba a mirar cos ollos case pechados a luz que transparentaba na copa de champaña. —¡Oh, se puidese pintar con cores en vez de con palabras! –exclamou a señorita Mayblunt, mirándoo extasiada. —"Había unha imaxe esculpida do Desexo pintada en sangue vermello sobre o fondo de ouro" –musitou Gouvernail. O viño trocara en silencio a habitual locuacidade de Victor. Parecía que estaba abandonado nun soño e que estaba a contemplar pracenteiras visións nas burbullas ambarinas. —Cante –pregou a señora Highcamp–. ¿Non quere cantar para nós? —Déixeo tranquilo –dixo Arobin. —Está pousando –suxeriu o señor Merriman–; a ver se lle pasa. —Coido que está paralizado –dixo rindo a señora Merriman. E inclinándose sobre a cadeira do mozo, colleu o vaso das súas mans e achegoullo ós beizos. Sorbeu o viño a modo; e, cando baleirou a copa, ela deixouna na mesa e secoulle os beizos co seu delicado pano. —Si, cantarei para vostede –dixo Victor, virando a cadeira cara a señora Highcamp. Agarrou as mans por detrás da cabeza e, mirando ó teito, empezou a cantaruxar, probando a súa voz como un músico afina o seu instrumento. Despois, mirando a Edna, empezou a cantar: Ah, si tu savais![49] —¡Cale! –berrou ela–. Non cante iso, non quero que o cante –e deixou o vaso tan impetuosa e cegamente enriba da mesa, que escachou contra unha garrafa. O viño esparexeuse polas pernas de Arobin e pingou un pouco no vestido de gasa negra da señora Highcamp. Victor perdera a noción da cortesía ou pensou que a súa anfitriona non falaba en serio porque despois de rir continuou: Ah, si tu savais! Ce que tes yeux me disent[50] —¡Oh, non pode facelo, non debe! –exclamou Edna, e, empurrando a cadeira cara a atrás, ergueuse, púxose detrás del e tapoulle a boca coa man. El bicou a suave palma que premía nos seus labios. —Non, non o farei, señora Pontellier. Non crin que o dixera en serio –dixo, erguendo a mirada cara a ela cos ollos acariciadores. O tacto dos beizos era coma unha deliciosa picadura na man de Edna. Ela ergueu a coroa de rosas da cabeza do mozo e guindouna a outro lugar da estancia. —Veña Victor, xa pousaches abondo. Devólvelle o pano á señora Highcamp. A señora Highcamp desenrolou o pano coas súas propias mans. A señorita Mayblunt e o señor Gouvernail chegaron de súpeto á conclusión de que xa era hora de se despediren, e o señor e a señora Merriman preguntaron cómo se faría tan tarde. Antes de despedirse de Victor, a señora Highcamp invitouno a chama-la súa filla, porque estaba segura de que lle encantaría coñecelo para falar francés e cantar cancións francesas con el. Victor comunicoulle os seus desexos e intención de chamar á señora Highcamp na primeira oportunidade que se lle presentase. Preguntoulle a Arobin se ía na mesma dirección ca el, pero Arobin ía noutra dirección. Os que tocaban a mandolina liscaran había un tempo. Un silencio profundo caera na ampla e fermosa rúa. As voces dos convidados de Edna, ó dispersárense, desafinaban coma unha nota discordante na tranquila harmonía da noite.
XXXI —¿E ben? –preguntou Arobin, que ficara con Edna cando os demais marcharon. —Ben –respondeu Edna, erguéndose e estarricando os brazos ante a necesidade de relaxa-los seus músculos despois de estar sentada tanto tempo. —¿E arestora, que? –preguntou el. —Marcharon tódolos serventes. Foron cos músicos. Despedinos. Hai que pechar e bota-las chaves na casa; eu irei andando ata o pombal e, pola mañá, enviarei a vella Célestine para arranxa-las cousas. Arobin mirou arredor de si e empezou a apagar algunhas luces. —¿Que facemos co de arriba? –preguntou. —Coido que todo está en orde, pero debe de haber unha ou dúas fiestras sen pechar. Será mellor que o comprobemos; debería coller unha candea e mirar. Traíame o mantón e o sombreiro que están ós pés da cama do cuarto do centro. Mentres el subía coa luz, Edna empezou a pechar portas e fiestras. Odiaba pechar co fume e cos vapores do viño dentro. Arobin atopou a capa e o sombreiro, baixounos e axudoulle a polos. Cando todo estivo ben pechado e as luces apagadas, saíron pola porta principal. Arobin pechou e colleu a chave para darlla a Edna. Logo, axudoulle a baixa-la escalinata. —¿Quere unha ramiña de xasmín? –preguntoulle, arrincando uns anovos ó pasar. —Non, non quero nada. Parecía desanimada, sen nada que dicir. Edna colleuse do brazo que el lle ofrecía, sostendo o peso da cola de satén coa man ceibe. Mirou abaixo, ollando a liña negra da perna de Arobin movéndose moi preto da súa, contra o escintileo amarelo do seu vestido. Escoitou o pitar do tren en algures, ó lonxe, e o soar das campás de media noite. No curto paseo non atoparon a ninguén. O "pombal" erguíase detrás dun enreixado pechado con chave e un parterre [51] cortado a rentes e descoidado. Había un soportal pequeniño diante, e por riba abríase unha fiestra e a porta principal. A porta daba directamente ó recibidor. Non había entrada lateral. Na parte traseira do patio estaba o cuarto do servicio no que a vella Célestine se acomodara. Edna deixara unha lámpada ardendo feblemente sobre a mesa, facendo así que a estancia estivese agradable e acolledora. Había libros na mesa e un canapé preto. No chan había unha esteira nova cuberta por unha ou dúas alfombras; nas paredes pendían uns poucos cadros de bo gusto. Pero o cuarto, para sorpresa de Edna, estaba cheo de flores. Fora Arobin o que as enviara, ordenándolle a Célestine que as colocase en ausencia de Edna. O seu dormitorio estaba a un lado e, por un corredor curto, chegábase ó comedor e mais á cociña. Edna sentouse, cun aire de total abatemento. —¿Está cansa? –preguntou el. —Si, e con calafríos, e triste. Síntome coma se me tensasen ata un punto demasiado forte e algo estoupase dentro de min. Repousou a cabeza na mesa, sobre o seu brazo nu. —Necesita descansar –dixo el–. E estar tranquila. Marcharei e deixarei que descanse. —Si –contestou Edna. Arobin ficou de pé ó seu carón e alisoulle o pelo coas súas mans suaves e magnéticas. O seu tacto transmitiulle a Edna un certo benestar físico. Adormecería doadamente se el continuase a pasarlle a man polo pelo. Despois , peiteoullo da caluga cara a arriba. —Espero que pola mañá se sinta mellor e máis leda. Intentou facer demasiadas cousas nestes últimos días. A cea foi a gota que fixo reborda-lo vaso. Debería tela suprimido. —Si –recoñeceu Edna–. Foi unha estupidez. —Non, foi unha delicia, pero esgotouna –as súas mans esparexéronse polos fermosos ombros de Edna. Podía percibi-la resposta da súa carne ó tacto. Sentou ó seu carón e bicouna suavemente no ombro. —Crin que ía marchar –dixo ela, cun ton de voz diferente. —Así que lle dea as boas noites. —Boas noites –murmurou ela. El non respondeu, e continuou acariciándoa. Non lle deu as boas noites ata que ela se someteu ás súas tenras e seductoras súplicas.
XXXII En canto o señor Pontellier coñeceu as intencións da súa esposa no tanto de abandona-la casa e cambia-la súa residencia a outro lugar, escribiulle axiña unha carta de total desaprobación e protesta. Ela déralle razóns que el non estaba disposto a considerar apropiadas. Esperaba que non tivese obrado baixo unha arroutada irreflexiva; e suplicoulle que considerase en primeiro lugar, ante todo e por riba de calquera cousa, o que diría a xente. Ó facerlle esta advertencia non pensaba no escándalo; semellante cousa endexamais se lle pasaría pola moleira, tratándose do nome da súa dona e do seu propio. Simplemente pensaba na súa integridade financeira. Podía corre-lo rumor de que os Pontellier andaban con apuros económicos e víanse obrigados a administra-lo ménage[52] de xeito máis humilde que ata entón. Poderíalle causar un dano incalculable ós negocios en perspectiva. Pero, ó lembra-lo caprichoso carácter de Edna nos últimos tempos, e previndo que ela obrase seguindo unha decisión impetuosa, tomou a situación coa súa habitual presteza, e manexouna co seu consabido tacto e habilidade profesional. O mesmo correo que lle trouxo a Edna a súa carta de desaprobación contiña instruccións –ordes precisas– a un famoso arquitecto, relativas á remodelación da casa, cambios nos que pensara había tempo e desexaba levar a cabo durante a súa temporal ausencia. Contratou expertos e acreditados embaladores e empregados de mudanzas para transportar a lugares seguros o mobiliario, alfombras e cadros; en resumo, tódolos bens mobles. E, nun tempo incriblemente curto, a casa dos Pontellier estivo nas mans dos artesáns. Había que engadir un cuartiño cómodo, pintar e poñer madeira nobre no chan das estancias que inda non foran sometidas a esta reforma. Ademais, nun dos xornais apareceu unha breve nota informando que o señor e a señora Pontellier propúñanse residir no estranxeiro polo verán, e que a luxosa residencia de Esplanade Street, sometida a espléndidos cambios, non estaría presta para ser ocupada ata a súa volta. ¡O señor Pontellier salvara as aparencias! Edna admirou a destra manobra do seu home e evitou calquera movemento que puidese frustra-los plans de Léonce. Cando a situación divulgada polo señor Pontellier foi aceptada e se deu por feita, Edna pareceu satisfeita de que as cousas cadrasen así. O pombal gustáballe. De contado tomou o íntimo aspecto dun fogar, á vez que se reflectía na casa coma un cálido resplandor o encanto co que Edna o revestía. Tiña a sensación de que descendera na escala social, cun sentimento paralelo de que ascendera na espiritual. Cada paso que daba cara á liberación das obrigas dáballe forza e expansión como individuo. Comezou a ollar cos seus propios ollos; a ver e capta-las ocultas correntes da vida. Xa non a satisfacía alimentarse de opinións alleas, cando o seu propio espírito a estimulaba. Pouco tempo despois, de feito, ó cabo duns días, Edna subiu pasar unha semana cos seus fillos a Iberville. Ían uns días de febreiro deliciosos, coa promesa do verán flotando no aire. ¡Que alegría ó ve-los nenos! Chorou co mesmo pracer cando sentiu que os seus braciños a apertaban; as curtidas e arroibadas meixelas dos nenos apertábanse contra as súas, que estaban resplandecentes. Mirábaos con ollos famentos que non se podían contentar só con mirar. ¡E que historias lle tiñan que contar á súa nai! Dos porcos, das vacas, das mulas. De cómo lle deran voltas ó muíño detrás de Gluglú; e cómo pescaran no lago co tío Lasper; colleran noces cos poliños negros de Lidie e transportaran poliñas no seu vagón de xoguete. Era mil veces máis divertido carrexar estelas de verdade para o lume auténtico da vella inválida Susi que arrastrar pola beirarrúa de Esplanade Street tarugos de madeira pintados. Foi con eles a ve-las vacas e os porcos, a contempla-los negros mentres botaban a cana; a varea-las nogueiras e a pescar ó lago detrás da casa. Viviu con eles unha semana enteira, dándolles todo e recollendo e enchéndose da súa vitalidade xuvenil. Eles escoitaban, sen folgos, cando ela lles contaba que a casa de Esplanade Street estaba ateigada de traballadores pegando marteladas, cravando, serrando e enchendo o lugar de ruído. Querían saber ónde estaban as súas camas; qué fixeran co seu cabaliño de balancín; ónde durmía Joe e ónde fora Ellen e a cociñeira. Pero, sobre todo devecían por ve-la nova casiña a volta da mazá. ¿Había sitio para xogar? ¿Había nenos na redonda? Raoul, con pesimismo agoireiro, estaba convencido de que só había rapazas. ¿Onde durmirían eles e onde durmiría papá? Edna díxolles que as fadas aquelarían todo. A anciá avoa estaba encantada coa visita de Edna e desfacíase en todo tipo de atencións. Estaba moi leda de saber que a casa de Esplanade Street estaba desmantelada. Así tiña escusa e pretexto para te-los nenos con ela por un tempo indefinido. Edna sentiu unha esgazadura e unha puntada de dor cando deixou ós nenos. Levaba consigo o son das súas voces e o tacto das súas meixelas. Durante todo o camiño de regreso á casa, permaneceu nela a súa presencia, como a lembranza dunha canción doce. Pero cando chegou á cidade a canción xa non resoaba no seu espírito. Estaba soa de novo.
XXXIII Ás veces, acontecía que cando Edna ía visitar a Mademoiselle Reisz, a pequena pianista estaba ausente, dando unha clase ou mercando algunha cousiña necesaria para a casa. Sempre deixaba a chave nun agocho secreto da entrada, que Edna coñecía. Se Mademoiselle estaba fóra, Edna, polo regular, entraba e esperaba a súa volta. Unha tarde, cando Edna chamou á porta de Mademoiselle, non recibiu resposta; así que, coma de costume, abriu a porta, entrou e, tal e como esperaba, atopou o apartamento deserto. Tivera un día bastante apurado, e ía buscando á súa amiga coma refuxio, para descansar e falar de Robert. Estivera traballando toda a mañá no cadro, o estudio dunha personaxe italiana nova, completando o traballo sen modelo; pero interrompérana moitas veces, por pequenos incidentes domésticos e outros de carácter mundano. Madame Ratignolle viñera arrastrándose, evitando, segundo dixo, os lugares transitados. Queixábase de que Edna non lle fixese moito caso ultimamente. Ademais, estaba consumida coa curiosidade por ve-la casiña e cómo se apañaba con ela. Quería que lle contase todo o que acontecera na cea. ¡Monsieur Ratignolle marchara tan cedo! ¿Que aconteceu despois que el marchou? A champaña e as uvas que Edna lles enviou eran absolutamente deliciosas. ¡Ela tiña tan pouco apetito! Refrescáranlle e tonificáranlle o estómago. ¿Onde demo ía poñe-lo señor Pontellier naquela casiña? ¿E ós nenos? E despois fíxolle prometer a Edna que correría ó seu carón cando lle chegase a hora da verdade. —A calquera hora, en calquera momento do día ou da noite, querida –aseguroulle Edna. Antes de marchar, Madame Ratignolle díxolle: —En certo senso, seméllame vostede unha nena, Edna. Creo que actúa sen a dose de reflexión necesaria nesta vida. Por iso quero dicirlle que non mo tome a mal se lle advirto que teña un pouco de coidado mentres viva aquí soa. ¿Por que non busca alguén que estea con vostede? ¿Non lle gustaría vir a Mademoiselle Reisz? —Non; ela non viría, e a min non me gustaría tela sempre á miña beira. —Ben, dígollo porque, xa sabe vostede o mal pensada que é a xente, hai quen di que Alcée Arobin adoita visitala. Por suposto que non tería importancia se o señor Arobin non tivese unha sona tan horrorosa. Monsieur Ratignolle dicíame que só coas súas atencións abonda para arruína-la reputación dunha muller. —¿Vanglóriase dos seus éxitos? –preguntou Edna con indiferencia, mirando de esguello ó seu cadro. —Non, coido que non. Estou segura de que consonte a iso, é un individuo correcto. Pero a súa forma de ser é ben coñecida entre os homes. Non poderei vir vela outra vez. Foi moi, pero que moi imprudente que hoxe viñese. —¡Teña coidado co chanzo! –exclamou Edna. —Non me teña abandonada –suplicou Madame Ratignolle–. E non se amole polo que lle dixen de Arobin e iso de que alguén viñera vivir con vostede. —Por suposto que non –contestou Edna, rindo–. Vostede pode dicirme o que queira. Déronse un bico de despedida. Madame Ratignolle non tiña que ir moi lonxe, e Edna quedou por un pouco no soportal mirándoa rúa abaixo. Despois, pola tarde, a señora Merriman e a señora Highcamp pasaron a facerlle unha visita. Edna pensou que ben poderían aforra-la formalidade. Tamén a viñeran convidar para que fose unha tarde xogar ó vingt-et-un [53]na casa da señora Merriman. Dixéronlle que fora axiña, para cearen antes, e que o señor Merriman ou o señor Arobin a acompañarían á casa. Edna aceptou sen moito interese. Ás veces, a señora Merriman e a señora Highcamp facíanselle moi pesadas. Á media tarde, buscou refuxio na casa de Mademoiselle Reisz, e alí estaba soa, esperándoa, sentindo como a ía invadindo unha especie de repouso, na atmosfera daquel desastrado e pouco presuntuoso cuartiño. Edna sentou á par da fiestra que daba á azotea e ó río. O peitoril estaba cheo de macetas con flores; e, mentres estaba sentada, dedicouse a arranca-las follas murchas dun xeranio rosa. O día era temperado, e a brétema que sopraba do río moi agradable. Quitou o sombreiro e deixouno no piano. Seguiu quitando as follas e furando a terra ó redor das plantas co alfinete do seu sombreiro. En certo momento pareceulle escoitar que Mademoiselle Reisz chegaba, pero tratábase dunha moza negra que entrou cun feixe de roupa da lavandería, depositouna no cuarto contiguo e saíu. Edna sentou ó piano e comezou a tocar suavemente cunha man as notas dunha partitura aberta ante ela. Botou unha media hora. Por veces escoitábase o ir e vir de xente no vestíbulo de abaixo. Estaba enfrascada tentando toca-la aria cando chamaron por segunda vez á porta. Preguntouse qué adoitaba face-la xente cando atopaba a porta de Mademoiselle pechada. —Pase –dixo, volvendo a cara á porta. E esta vez foi Robert Lebrun quen se presentou. Edna intentou erguerse pero non podía facelo sen revela-la axitación que a dominaba ó velo; así que se repregou no tallo e exclamou: —¡Caramba! ¡Robert! El achegouse e deulle a man sen saber aparentemente o que dicía nin o que facía. —¡Señora Pontellier! Pero ¿como é que vostede...? ¡Oh, que bo aspecto ten! ¿Non está Mademoiselle Reisz? Nunca imaxinei que ía atopala aquí. —¿Cando regresou? –preguntou Edna con voz tremente, enxugando á cara co pano. Semellaba incómoda no tallo do piano, e el rogoulle que sentase na cadeira ó carón da fiestra. Ela obedeceuno mecanicamente, mentres el sentaba no tallo. —Volvín antonte –respondeulle, apoiando o brazo nas teclas e producindo un estrepitoso son discordante. –¡Antonte! –repetiu ela en voz alta, e seguiu pensando para si "antonte" con aire de non entender. Imaxinara que a buscaría nada máis chegar, e el levaba vivindo baixo o mesmo ceo dende antonte, e só por casualidade tropezara con ela. Mademoiselle debera de mentir cando dixera: "Pobre infeliz, está namorado de vostede". —¡Antonte! –repetiu Edna, rompendo un brote do xeranio de Mademoiselle–. Daquela, se non me atopase hoxe aquí, non... cando... en fin, ¿non tiña intención de virme ver? —Por suposto que si. Había tantas cousas que... –volveu as follas da partitura de Mademoiselle con nerviosismo–. Onte mesmo comecei a traballar na miña antiga empresa. Despois de todo, hai as mesmas posibilidades aquí que en México. É dicir, poida que algún día logre sacarlle partido a todo esto. E ademais os mexicanos non eran moi simpáticos. Seica volvera porque os mexicanos non eran moi simpáticos; porque os negocios eran tan prósperos aquí coma aló; por ningunha razón en concreto, e non porque quixese estar preto dela. Edna lembrou o día en que, sentada no chan, percorría de arriba a abaixo as follas da súa carta buscando o motivo non expresado. Polo de agóra non reparara no aspecto que tiña Robert; soamente notaba a súa presencia; pero volveuse deliberadamente para observalo. Despois de todo, só estivera ausente uns poucos meses e non cambiara. O pelo, da mesma cor có dela, ondulábaselle cara a atrás nas sens do mesmo xeito que antes. Non tiña a pel máis bronceada que en Grand Isle; e, ó observalo, durante un momento de silencio, descubriu que os seus ollos a miraban con idéntica dozura, inda que agora descubría neles un ardor e unha súplica que antes non existían; a mesma mirada que penetrara nos recunchos adormecidos do seu espírito e os espertara. Edna imaxinara a volta de Robert, e figurarase o seu primeiro encontro unha chea de veces. Polo regular acontecía na casa, onde el a buscaría de seguida. Sempre o imaxinaba declarándollo ou suxeríndolle o seu amor. E velaquí estaba a realidade, sentados a dez pés de distancia; ela a carón da fiestra, cheirando follas de xeranio e esmagándoas coas man; el a voltas no tallo do piano e dicindo: —Sorprendeume moito saber que o señor Pontellier estaba ausente; estráñame que Mademoiselle Reisz non me falase diso; nin da súa mudanza (díxomo miña nai onte). Coido que debeu de ir con el a Nova York, ou a Iberville cos rapaces, mellor que ficar aquí preocupada coas tarefas de ama de casa. E tamén escoitei que marcha ó estranxeiro. Daquela non a teremos connosco o vindeiro verán en Grand Isle; non parecerá..., en fin, ¿ve moito a Mademoiselle Reisz? Falábame a miúdo de vostede nas poucas cartas que me escribiu. —¿Lembra que cando marchou prometeu escribirme? –un súpeto rubor cubriulle todo o rostro. —Non pensei que as miñas cartas tivesen o mínimo interese para vostede. —Iso é unha escusa; non é a verdade. Edna colleu o sombreiro do piano. Axustouno espetando o alfinete con certa deliberación na súa gran mata de pelo. —¿Non vai agardar a Mademoiselle Reisz? –preguntoulle Robert. —Non; xa descubrín que cando está fóra tanto tempo é moi posible que non veña ata tarde –enfundou as luvas, e Robert colleu o seu sombreiro. —¿Non a vai agardar vostede? –preguntou Edna. —Non, se cre vostede que non ha chegar ata tarde –e coma se de súpeto fose consciente de certa descortesía ó falar, engadiu–. Ademais, perdería o pracer de acompañala á casa. Edna pechou a porta con chave e puxo esta no acocho de costume. Foron xuntos, camiñando con tento polas rúas embarradas e as beirarrúas cheas de telderetes con miudezas de pequenos comerciantes. Fixeron parte do camiño en coche; e, despois de baixar, pasaron por diante da mansión dos Pontellier, que tiña o aspecto de estar rota e desartellada. Robert nunca vira a casa, e mirouna con interese. —Nunca a vin na súa casa anterior –puntualizou. —Alégrome de que non o fixese. —¿Por que? Ela non contestou. Deron a volta á esquina e, cando el entrou con ela na casiña, parecía coma se, finalmente, os soños de Edna se estivesen facendo realidade. —Ten que quedar a cear comigo, Robert. Xa ve que estou soa e, ademais, hai moito tempo que non o vexo. Hai tantas cousas que lle quero preguntar... Edna quitou o sombreiro e as luvas. El quedou de pé, indeciso, escusándose con que a súa nai o agardaba; mesmo murmurou algo sobre un compromiso. Edna acendeu un misto e prendeu unha lámpada de mesa. Estaba escurecendo. Cando viu a cara de Edna á luz da lámpada, angustiada e coas suaves liñas do seu rostro desdebuxadas, deixou o sombreiro a un lado e sentou. —¡Oh, vostede sabe que quero quedar, se mo permite! –exclamou. Toda a dozura volveu de novo. Sorriu dirixíndose a el, e púxolle a man no ombro. —Agora si que me parece o Robert de antes. Ireillo dicir a Célestine. Saíu a correr para avisar a Célestine de que puxese outro cuberto. Mesmo a enviou a buscar algunhas exquisiteces que para ela soa non pensara mercar. Advertiulle que tivese coidado ó coalo café e que non deixase pasa-la tortilla. Cando volveu entrar, Robert estaba remexendo nas revistas, debuxos e cousas que había encol da mesa, todas desordenadas. Colleu unha fotografía e exclamou: —¡Alcée Arobin! ¿Que demo fai esta foto aquí? —En certa ocasión intentei facer un debuxo da súa cabeza –contestou Edna–, e el pensou que me había axudar unha fotografía. Estaba na outra casa, e pensei que a deixara alí. Debín de empaquetala cos meus útiles de debuxo. —Debería devolverlla, se é que rematou o debuxo. —Oh, teño unha feixe de fotografías coma estas. Nunca pensei en devolvelas. Non serven para nada. Robert continuou ollando a foto. —Paréceme que... ¿Coida vostede que paga a pena debuxa-la súa cabeza? ¿É amigo do señor Pontellier? Non me dixo nunca que o coñecía. —Non é amigo do señor Pontellier; é amigo meu. Coñézoo hai moito... é dicir, o que se di coñecelo ben, dende hai pouco. Pero preferiría falar de vostede e saber qué é o que viu, fixo e descubriu aló, en México. Robert apartou a foto. —Estiven a ve-las ondas e a praia branca de Grand Isle; a tranquila corredoira de herba de Chêrnière; o antigo forte de Grand Terre. Estiven a traballar coma unha máquina e a sentirme coma unha alma en pena. Non pasou nada interesante. Edna apoiou a cabeza na man para evita-la luz da lámpada nos ollos. —¿E que estivo facendo vostede? ¿Que viu e que sentiu todo este tempo? –preguntou el. —Estiven a ve-las ondas e a praia branca de Grand Isle; a tranquila corredoira de herba de Chêrnière Caminada; o antigo forte soleado de Grand Terre. Estiven a traballar con menos consciencia que unha máquina e inda me sinto coma unha alma en pena. Non pasou nada interesante. —Señora Pontellier, é vostede cruel –dixo, emocionado, pechando os ollos e descansando a cabeza na espaleira da cadeira. Ficaron calados ata que a vella Célestine anunciou a cea.
XXXIV O comedor era moi pequeno. Os mobles de caoba ó redor de Edna case o enchían. Tal e como estaba, había tan só un ou dous pasos dende a mesiña á cociña, á cheminea, ó pequeno aparador e á porta lateral que daba a un patio estreito, embaldosado. Cando se anunciou a cea, caeu sobre eles un certo aire de cerimonia. Non volveron falar de temas persoais. Robert contou incidentes da súa estadía en México, e Edna falou de cousas acontecidas na súa ausencia e que probablemente lle interesaban. Foi unha cea corrente, agás polas exquisiteces que Edna mandara mercar. A vella Célestine, cun pano ó redor da cabeza sosténdolle o moño, trenqueleaba de aquí para alá, interesándose por todo e deténdose ás veces falando en patois[54] con Robert, ó que coñecía dende neno. Saíu para mercar papel de envolver nun estanco próximo. Cando regresou, Celestine xa servira o café na saliña. —Quizá non debín volver –dixo el–. Cando canse de min, mándeme marchar. —Vostede nunca me cansa. Debeu esquece-las horas e horas que pasamos xuntos en Grand Isle nas que nos fomos afacendo o un ó outro. —Non me esquecín nada de Grand Isle –dixo sen mirala, envolvendo un cigarro. A tabaqueira que deixara enriba da mesa era un precioso traballo bordado en seda, evidentemente artesanía feita por unha muller. —Adoitaba leva-lo tabaco nunha bolsa de caucho –dixo Edna, collendo a tabaqueira e examinando o bordado. —Si, perdina. —¿Onde mercou esta? ¿En México? —Foi un agasallo dunha rapaza de Veracruz; son moi xenerosas –contestou chiscando un misto e acendendo un cigarro. —Son moi bonitas, supoño, esas mulleres mexicanas; moi exóticas, cos seu ollos negros e os mantóns de encaixe. —Algunhas si, outras son horrorosas. Coma en tódolos sitios. —¿Como era a que o agasallou coa tabaqueira? Coñeceríaa moi ben. —Era moi vulgar. Non tivo a máis mínima importancia. Si, coñecina bastante ben. —¿Ía visitala á súa casa? ¿Era bonito o lugar? Gustaríame que me contase cousas das xentes que coñeceu e da impresión que lle causaron. —Hai xente que deixa impresións menos duradeiras có suco dun remo na auga. —¿Foi ela unha destas? —Non sería xeneroso pola miña parte admitir que ela era dese tipo e desa clase. Meteu a tabaqueira no peto, como deixando o tema a un lado xunto coa minucia que o sacara a relucir. Apareceu Arobin, cunha mensaxe da señora Merriman, dicindo que se pospuxera a partida de cartas por mor da enfermidade dun dos nenos. —¿Como está, Arobin? –dixo Robert, saíndo da escuridade. —¡Oh, Lebrun, de modo que é vostede! Escoitei dicir onte que volvera. ¿Como se portaron con vostede aló, en México? —Moi ben. —Pero non bastante ben para retelo. ¡Espléndidas mozas, as mexicanas! Pensei que non había deixar xamais Veracruz cando hai dous anos estiven aló. —¿Fixéronlle zapatillas bordadas, tabaqueiras, bandas para o sombreiro e cousas así? –preguntou Edna. —¡Que va! Non me fixeron moito caso. Coido que me causaron máis impresión elas a min que eu a elas. —Entón, foi vostede menos afortunado ca Robert. —Eu son sempre menos afortunado ca Robert. ¿Estívolle a facer confidencias? —Xa tivo que aturarme bastante tempo –dixo Robert, erguéndose e dándolle a man a Edna–. Por favor, déalle memorias da miña parte ó señor Pontellier cando lle escriba. Deulle a man a Arobin e saíu. —Bo rapaz, ese Lebrun –dixo Arobin, unha vez Robert marchou–. Nunca lle escoitei falar del. —Coñecino este verán en Grand Isle –contestou ela–. Aquí ten esta fotografía súa. ¿Non a quere? —¿Para que a hei querer? Tírea. Edna volveuna pousar na mesa. —Non vou ir á casa da señora Merriman; se a ve, dígallo; pero quizabes sexa mellor escribir unha nota. Creo que lle escribirei para dicirlle que sinto que o neno estea enfermo e que non conte comigo. —É un bo plan –condescendeu Arobin–. Non a culpo. ¡Semellante morea de estúpidos! Edna abriu o secante, colleu papel e pluma e comezou a escribi-la nota. Arobin acendeu un xaruto e comezou a le-lo xornal da tarde que levaba no peto. —¿Que día é hoxe? –preguntou Edna. El díxollo. —¿Quere poñer esto no correo cando saia? —Claro que si. El íalle lendo fragmentos do xornal, mentres ela poñía en orde as cousas de enriba da mesa. —¿Que lle apetece facer? –preguntou el, deixando a un lado o xornal–. ¿Quere camiñar, dar un paseo en coche ou calquera outra cousa? Vai unha noite deliciosa para ir en coche. —Non, non quero nada máis que estar tranquila. Saia e divírtase; non se quede. —Ireime se non me queda máis remedio, pero non me divertirei. Xa sabe que só vivo cando estou preto de vostede. Púxose de pé para darlle as boas noites. —¿É iso o que di sempre ás mulleres? —Díxeno outras veces, pero non creo que xamais fose tan certo coma agora –contestou, cun sorriso. Non había luces cálidas nos seus ollos. Tan só unha mirada ausente e soñadora. —Boas noites. Adóroa. Durma ben –dixo. Bicoulle a man e saíu. Edna ficou soa nunha especie de soño, coma abraiada. Reviviu paso a paso cada intre de tempo que pasara con Robert dende que entrara pola porta de Mademoiselle Reisz. Rememorou as súas verbas, as súas miradas. ¡Que escasas e pouco substanciosas lle resultaran ó seu famento corazón! Ante ela apareceu a imaxe dunha moza mexicana extraordinariamente seductora. Retorceuse cunha picada de celos. Preguntou para si cándo volvería velo. Non dixera que había volver. Estivera con el, escoitara a súa voz e tocáralle á súa man. Pero en certo modo sentíao máis afastado que cando estaba en México.
XXXV A mañá rebordaba de sol e de esperanza. Non había negativas ante Edna, senón soamente promesas de ledicia. Xacía na cama, esperta, cos ollos brillantes e inquisidores. "Robert amábaa, pobre infeliz". Se puidese lograr que esa convicción arraigase na súa mente, ¿que importaba todo o demais? Decatábase do infantil e imprudente que fora a noite anterior, entregándose ó desalento. Fixo un reconto dos motivos que, sen dúbida, explicaban a reserva de Robert. Non eran insalvables. Se realmente a quixera, non se terían en pé; tampouco poderían manterse fronte á paixón que ela sentía e que el chegaría a captar conforme pasase o tempo. Imaxinouno de camiño á oficina aquela mañá; viu mesmo como ía vestido; baixando por unha rúa e dando volta á esquina; viuno inclinándose na mesa do despacho, falando coa xente que entraba á oficina, indo xantar e tal vez buscándoa pola rúa. Viría vela pola tarde ou contra a noite; sentaría a envolve-lo seu cigarro, charlaría un pouco, e marcharía coma a noite pasada. ¡Pero que marabilloso se estivese alí con ela! Non laiaría, nin trataría de escudriña-las súas reservas, no caso de que inda as tivese. Edna almorzou a medio vestir. A doncela trouxo unha carta cuns esborranchos de Raoul, expresándolle o seu amor, pedíndolle que lle enviase bombóns e contándolle que aquela mañá atopara dez bacoriños brancos, pequerrechiños, deitados nunha ringleira xunto á porca branca de Lidie. Tamén chegou unha carta do seu marido, dicíndolle que esperaba estar de volta a primeiros de marzo, e entón sería o momento axeitado para emprende-la viaxe ó estranxeiro que lle prometera había tempo e que agora, ó cabo, podería custear; viaxarían como Deus manda, sen escatimar pequeneces, gracias ás súas últimas especulacións en Wall Street. Con gran sorpresa recibiu unha nota de Arobin, escrita dende o club, á media noite. Dáballe os bos días, esperando que tivese durmido ben, reafirmando a súa devoción por ela e confiando en ser correspondido, anque superficialmente. As cartas foron todas do seu agrado. Contestou ós nenos nun ton animado, prometéndolles bombóns e felicitándoos pola feliz descuberta dos bacoriños. Contestoulle ó marido con agarimosas evasivas, non coa vontade de enganalo, senón porque o máis mínimo sentido da realidade desaparecera da súa vida; abandonarase ó Destino, e agardaba indiferente as consecuencias. Non contestou a nota de Arobin. Botouna ó lume da cociña de Célestine. Edna traballou durante horas con grande ánimo. Non viu máis que a un marchante de cadros, que lle preguntou se era certo que ía estudiar a París. Edna respondeulle que posiblemente iría, e acordaron que ela fixese uns cantos estudios de París co fin de que chegasen a tempo para as vendas de Nadal. Robert non veu aquel día. Edna estaba profundamente desilusionada. Tampouco o seguinte, nin o outro. Cada mañá espertaba coa esperanza e cada noite era presa do desalento. Sentía tentacións de ir buscalo; pero, lonxe de ceder ó pulo, evitaba calquera ocasión que a puxese no camiño de Robert. Non foi á casa de Mademoiselle Reisz nin pasou xunto á casa de Madame Lebrun, como podería ter feito se el inda se atopase en México. Cando, unha noite, a instou Arobin a que o acompañara no seu coche de cabalos, colleron cara ó lago pola estrada de Shell. Os cabalos eran briosos e ata un pouco indómitos. A Edna gustáballe o trote rápido co que corrían e o son seco e cortante dos cascos no firme da estrada. Non pararon a comer nin a beber. Arobin non buscaba o perigo sen necesidade. Pero comeron e beberon cando chegaron ó pequeno comedor de Edna, alá pola noitiña. Era xa tarde cando el marchou. A insistencia de Arobin por vela e permanecer xunto a ela estábase a converter en algo máis que un capricho pasaxeiro. Detectara a sensualidade latente nela, que, coma un adormecido abrocho ardente e sensible, el abría coa súa fina intuición das esixencias da natureza de Edna. Cando aquela noite quedou durmida non había desalento nela; tampouco había esperanza cando espertou pola mañá.
XXXVI Había un xardín nas aforas; un recunchiño frondoso, cunhas poucas mesas verdes baixo as laranxeiras. Un gato vello durmía ó sol, durante todo o día, sobre un chanzo de pedra, e unha vella mulatresse[55] pasaba o tempo perdido a durmir nunha cadeira xunto á fiestra aberta, ata que alguén golpeaba nunha das mesas verdes. Vendía leite e queixo fresco, pan e manteiga. Non había ninguén que fixese mellor café, nin que dourase o polo coma ela. Era un lugar demasiado modesto para chama-la atención da xente elegante, e bastante tranquilo para pasaren inadvertidos os que buscaban diversión e esmorga. Edna descubrírao por casualidade, un día no que a enorme porta de taboíña quedara entreaberta. Albiscou unha mesiña verde, con pintas da luz do sol, que caían sobre ela, filtrándose a cadriños por entre as follas que se estremecían. Dentro atopara coa somnolenta mulatresse, o gato adormecido e un vaso de leite que lle lembraba o que probara en Iberville. Detíñase a miúdo alí nos paseos; ás veces levaba un libro e, se o lugar estaba deserto, sentaba unha ou dúas horas baixo as árbores. Ceara alí soa nun par de ocasións, despois de avisar a Célestine para que non preparase a cea na casa. Era o último lugar da cidade no que esperaría atopar con alguén coñecido. Con todo, non se sorprendeu bastante cando, unha tardiña, mentres tomaba unha cea sinxela, ollando un libro e acariñando o gato que fixera bo caldo con ela, viu entrar a Robert pola gran porta do xardín. —Está visto que só tropezo con vostede por casualidade –dixo Edna, empurrando o gato fóra da cadeira que tiña á súa beira. El sorprendeuse, sentiuse incómodo e case violento ó atopala tan inesperadamente. —¿Vén aquí a miúdo? –preguntoulle. —Case vivo aquí –respondeu ela. —Eu adoitaba pasar por aquí con frecuencia, a tomar unha cunca do bo café de Catiche. Esta é a primeira vez que veño dende que regresei. —Pídalle un prato e comparta a miña cea. Sempre hai comida de sobra para dous, e ata para tres. Ó velo, Edna tratou de amosarse indiferente e tan reservada coma el; tomara esta decisión trala laboriosa serie de razoamentos que emerxeran a raíz dun dos seus estados de depresión. Pero os seus propósitos disipáronse cando o viu diante dela, sentado á súa par no xardinciño, coma se un designio divino o puxese no seu camiño. —¿Por que se vén mantendo tan afastado de min, Robert? –preguntou, pechando o libro aberto sobre a mesa. —¿Por que é vostede tan directa, señora Pontellier? ¿Por que me obriga vostede a buscar subterfuxios estúpidos? –exclamou, cun súpeto ardor–. Supoño que non serve de nada dicirlle que estiven moi ocupado, ou enfermo, ou que a fun ver pero non a atopei na casa. Por favor, non me obrigue a darlle unha destas escusas. —É vostede a personificación do egoísmo –dixo Edna–. Agocha algo, non sei o qué, pero hai algún motivo egoísta; e, por compadecemento, non se para a considerar nin un intre o que eu penso, ou cómo me sinto co seu abandono e indiferencia. Supoño que vostede dirá que esto é impropio nunha muller, pero adoptei o costume de dici-lo que penso. Non me importa, e, se lle parece, pode pensar que son pouco feminina. —Non; só penso que é cruel, tal e como lle dixen o outro día. Pode que non sexa intencionadamente pero parece que quixese forzarme a declaracións que non habían servir de nada; coma se me obrigase a destapar unha ferida polo pracer de contemplala, sen intención nin poder para curala. —Estoulle a estraga-la cea, Robert; non teña en conta o que lle digo. Non probou bocado. —Só vin tomar unha cunca de café –o seu rostro delicado estaba desfigurado pola axitación. —É un sitio encantador, ¿non si? –observou ela–. Estou moi leda de que en realidade non o teñan descuberto. ¡Estase tan tranquilo e tan a gusto aquí! ¿Decátase de que nin se escoita ruído? Queda bastante arredado do camiño, e dende o coche hai un bo paseo. Pero, a min non me importa pasear. Sempre compadecín ás mulleres que non lles gusta andar. Pérdense tantas cousas, tantos pequenos e estraños retallos de vida; e nós, as mulleres aprendemos tan pouco da vida en xeral... —O café de Catiche está sempre quente –proseguiu Edna–. Non sei cómo se apaña aquí, ó aire libre. O café de Célestine arrefría mentres o trae da cociña ó comedor. ¡Tres terróns! ¿Como pode tomalo tan doce? Colla agróns coa chuleta. ¡Están tan picantes e frescos! Ademais, un ten a vantaxe de poder fumar mentres toma o café aquí fóra. Agora, na cidade... pero ¿non vai fumar? —Dentro dun pouco –dixo, poñendo o xaruto enriba da mesa. —¿Quen llo deu? –preguntou ela, a rir. —Merqueino. Supoño que me estou convertendo nun imprudente; merquei unha caixa enteira. Edna estaba decidida a non falar de cousas persoais que o fixesen sentirse incómodo. A gata fíxose amiga de Robert e subiu ó seu colo mentres el fumaba o xaruto. Acariciáballe a sedosa pel, e díxolle algunhas cousas. Mirou para o libro de Edna, que el xa lera, e contoulle o final para, segundo dixo, aforrarlle o traballo de ter que rematalo. Robert acompañouna outra vez de regreso á casa; xa escurecera cando chegaron o pequeno "pombal". Edna non lle pediu que quedase, e el agradeceullo, porque lle permitía estar alí sen a incomodidade de mete-la pata cunha escusa na que non tiña intención de pensar. Robert axudoulle a acende-la lámpada, e despois ela entrou no seu cuarto a quita-lo sombreiro e lava-la cara e as mans. Cando volveu, Robert non estaba mirando os cadros, nin ollando revistas coma a outra vez. Sentara na penumbra, coa cabeza recostada na espaleira da cadeira, coma se meditase. Edna detívose un momento xunto á mesa, ordenando os libros que había enriba. Despois, cruzou a estancia ata chegar onde el sentara. Inclinouse sobre o brazo da cadeira e chamouno polo seu nome. —Robert –dixo–. ¿Está durmido? —Non –contestou el, mirándoa. Inclinouse sobre el e bicouno; un bico, suave, frío e delicado, penetrando o voluptuoso aguillón en todo o seu ser. Despois afastouse del. Robert seguiuna e colleuna entre os seus brazos, reténdoa xunto a el. Edna acariciou o rostro de Robert e apertou a súa meixela contra a súa. A escena estaba chea de amor e de tenrura. El buscou os seus beizos de novo. Despois arrastrouna cara ó sofá, xunto a el, e mantivo entre as súas a man de Edna. —Agora xa o sabes –dixo el–; agora xa sabes contra o que estiven a loitar dende o verán pasado en Grand Isle; o que me levou fóra de aquí e o que me fixo volver de novo. —¿Por que estiveches a loitar contra esto? –preguntou ela. O seu rostro irradiaba luz. —¿Por que? Porque non eras libre; eras a esposa de Léonce Pontellier. Non podía evitar amarte anque foses dez veces a súa esposa, pero mentres me arredase e me mantivese lonxe podía evitar dicircho. Edna pousou a súa man libre no ombro de Robert e despois acariñoulle suavemente a meixela. El volveu bicala. O seu rostro estaba cálido e arroibado. —En todo este tempo, aló en México, non deixei de pensar en ti e de desexarte. —Pero non me escribiches –interrompeuno ela. —Metéuseme nos miolos que me querías e perdín o sentido; esquecinme de todo, agás do tolo soño de que chegaras a converterte na miña esposa. —¡A túa esposa! —Relixión, lealdade, todo retrocedería se ti me quixeses. —Daquela, houbo un momento no que esqueciches que era a esposa de Léonce Pontellier. —Oh, si; debín de tolear soñando cousas desatinadas e imposibles, lembrando homes que deixaran ceibes as súas mulleres e cousas das que todos escoitamos falar. —Si, todos escoitamos falar de cousas desas. —Regresei cheo de intencións imprecisas e tolas, pero cando cheguei aquí... —Cando chegaches aquí, ¡nin sequera te achegaches a min! –Edna inda continuaba acariñándolle meixela. —Decateime de que era un canalla ó soñar algo así, inda que ti estiveses disposta. Ela colleulle o rostro entre as mans e escudriñouno coma se non fose deixar de miralo endexamais. Bicoulle a fronte, os ollos, as meixelas e os beizos. —¡Portácheste coma un verdadeiro paspán, perdendo o tempo, soñando en cousas imposibles, ó dicir que o señor Pontellier podería deixarme ceibe! Xa non son unha das posesións do señor Pontellier, para que poida dispor ou non dispor de min. Entrégome a quen eu escollo. Se el dixese: "Aquí a tes, Robert, lévaa e faina feliz; é túa", eu faría risa de vó-los dous. O rostro de Robert murchou lixeiramente. —¿Que queres dicir? –preguntou. Chamaron á porta. Entrou a vella Célestine para dicirlle que acababa de vi-la serventa de Madame Ratignolle coa mensaxe de que Madame tiña dores e pregáballe que fose onda ela o antes posible. —Si, si –dixo Edna, erguéndose–; prometinllo. Dígalle que si, que me espere. Irei cabo dela. —Deixa que te acompañe –ofreceuse Robert. —Non –dixo–. Irei coa súa serventa. Entrou no seu cuarto e puxo o sombreiro. Ó saír sentou unha vez máis no sofá xunto a Robert, que non se movera do sitio. Rodeoulle o pescozo cos brazos. —Adeus, Robert, meu amorciño. Dime adeus. Bicouna cunha paixón tal que superaba a das caricias de antes e abrazouna. —Ámote –murmuroulle–, a ti, e a ninguén máis que a ti. Fuches ti, o verán pasado, quen me espertou do longo e estúpido soño de toda a vida. ¡Oh! Fixéchesme tan desgraciada coa túa indiferencia. ¡Canto sufrín e sufrín! Agora que estás aquí xa podemos amarnos un ó outro, meu amor. Cada un de nós será o único que importa para o outro. Non importa o que acontece no resto do mundo. Teño que ir á casa da miña amiga, pero ¿esperarás por min? Inda que chegue tarde ¿esperarás por min, Robert? —¡Non vaias Edna, non vaias! ¡Fica comigo! –suplicoulle–. ¿Por que tes que ir? ¡Fica comigo! —Volverei o antes que poida, e ti estarás aquí. Ocultou o rostro no pescozo del, e díxolle adeus de novo. A súa voz seductora e o seu grande amor por ela engaioláranlle os seus sentidos, privándoo de calquera estímulo agás o desexo de agarrala e retela. XXXVII Edna mirou dentro da botica. O propio Monsieur Ratignolle estaba preparando unha fórmula, con moito coidado, vertendo un líquido vermello nun vasiño. Agradeceulle a Edna que viñese; a presencia dela había ser un alivio para a súa dona. A irmá de Madame Ratignolle, que sempre estivera ó seu lado en momentos tan difíciles, non puidera subir da plantación, e Adèle estivera inconsolable ata que a señora Pontellier, tan amablemente, prometeu acudir xunto a ela. A enfermeira quedara polas noites con eles toda a semana anterior, xa que vivía moi lonxe de alí. E o doutor Mandelet pasara a tarde indo e vindo. Estábano esperando dun momento a outro. Edna subiu a correr por unha escaleira particular que conducía da parte traseira da botica ás dependencias de arriba. Os nenos estaban todos durmindo nun cuarto da parte de atrás. Madame Ratignolle estaba no salón, onde chegara deambulando con insufrible impaciencia. Estaba sentada no sofá, vestida cun amplo peignoir branco, agarrando coas súas mans crispadas un pano. Tiña o rostro contraído e aflixido, e macilentos e con olleiras os doces ollos azuis. Levaba o fermoso pelo peiteado cara a atrás e a longa trenza descansaba sobre o coxín do sofá, enrolada coma unha serpe dourada. A enfermeira, unha muller de Griffe, de aspecto moi agradable, con mandil e cofia branca, instábaa a que regresase ó seu dormitorio. —¡É un inútil, é un inútil! –díxolle de seguida a Edna–. Temos que desfacernos de Mandelet; estase facendo demasiado vello e descoidado. Dixo que estaría aquí ás sete e media; agora deben de se-las oito. Vai ver qué hora é, Josephine. A enfermeira tiña un carácter xovial, e negábase a toma-las situacións demasiado en serio, especialmente unha que lle resultaba tan familiar. Recomendaba a Madame ter valor e paciencia. Pero Madame mordía os beizos con forza, e Edna viu as pingas de suor esvarando pola súa branca fronte. Despois dun pouco, lanzou un fondo suspiro e enxugou a cara co pano feito unha bóla. Parecía derreada. A enfermeira deulle un pano limpo, empapado con auga de colonia. —¡Esto é de máis! –berrou–. ¡Habería que matar a Mandelet! ¿Onde está Alphonse? ¿É posible que todos me abandonen e me desatendan? —¡Máis que desatendida! –exclamou a enfermeira. ¿Seica non estaba ela alí? ¿E non viñera xa a señora. Pontellier, deixando sen dúbida unha tarde agradable na súa casa, para dedicarse a ela? ¿E non se asomaba ó recibidor cada minuto o señor Ratignolle? E, por se fose pouco, Josephine estaba segura de que escoitara o coche do doutor Mandelet. Si, estaba abaixo, á porta. Adèle consentiu en volver ó seu dormitorio, sentándose no bordo dun pequeno canapé baixo, pegado á cama. O doutor Mandelet non fixo caso dos reproches de Madame Ratignolle. Estaba afeito a eles en tales ocasións, pero estaba tan convencido da lealdade de Adèle que non a poñía en dúbida. Alegrouse de ver a Edna, e invitouna a que lle fixese compaña un anaco no salón. Pero Madame Ratignolle non consentía que Edna a abandonase un segundo. Entre unha dor e outra, charlaba un pouquiño e, segundo dicía, iso axudáballe a distraerse dos seus males. Edna encomezou a sentirse incómoda. Embargábaa unha leve sensación de medo. As súas propias experiencias de parto parecíanlle afastadas, irreais, e só as lembraba a medias. Rememorou debilmente un éxtase de dor, o forte cheiro do cloroformo, un letargo que amortecera a sensación, e o espertar atopando unha pequena vida nova á que ela lle dera o ser, e que se sumaba á inmensa e incontable multitude de almas que van e veñen. Empezou a desexar que non tivese vido; a súa presencia non era necesaria. Puidera inventar un pretexto para manterse á marxe; mesmo agora, podía urdir unha escusa para irse. Pero non marchou. Foi testemuña da escena da tortura, intimamente angustiada, con apaixonada e muda repulsión contra os métodos da natureza. Inda estaba atordada e sen fala pola emoción, cando, pouco despois, se inclinou sobre a súa amiga para bicala e dicirlle suavemente adeus. Adèle, premendo a súa meixela, díxolle polo baixo con voz exsangüe: —¡Pense nos nenos, Edna! Oh, pense nos nenos. ¡Lémbrese deles!
XXXVIII Cando saíu ó aire libre, inda se sentía atordida. O cupé do doutor volvera para recollelo e estaba diante da porte cochère[56]. Ela non desexaba entrar no cupé e díxolle ó doutor que iría dando un paseo; non tiña medo de ir soa. El deu ordes de que a súa carruaxe o recollese na casa da señora Pontellier, e comezou a camiñar con ela cara á súa casa. Sobre as angostas rúas, franqueadas por altas casas, as estrelas resplandecían distantes. O aire era morno e agarimoso, pero cun fresco alento nocturno de primavera. Paseaban a modiño; o doutor, cun paso grave e preciso e as mans por detrás; Edna, absorta, coma se pasease unha noite calquera en Grand Isle, coma se os seus pensamentos fosen por diante e ela estivese a esforzarse por acadalos. —Non debeu vir, señora Pontellier –díxolle el–. Non é un lugar a xeito para vostede. Adèle, nestas ocasións, é unha caprichosa. Había unha ducia de mulleres que podían estar con ela, mulleres pouco impresionables. Penso que foi cruel, totalmente cruel. Non debeu vir. —¡Vaia! –contestou ela, con indiferencia–. Despois de todo, non sei qué importancia ten. Unha vez ou outra hai que pensar nos nenos, e canto antes, mellor. —¿Cando regresa Léonce? —Dentro de pouco. En marzo. —¿E pensa ir ó estranxeiro? —Quizabes..., non, non penso ir. Non me van forzar a nada. E non quero ir ó estranxeiro. Quero que me deixen de amolar. Ninguén ten dereito, agás os nenos, e incluso, nese caso, paréceme, ou mellor dito, parecíame... –notou que as súas verbas poñían de manifesto a incoherencia dos seus pensamentos, e detívose bruscamente. —O problema é –suspirou o doutor, intuíndo o que Edna quería dicir– que a xuventude abandónase ós soños. Parece coma se fose reclamo da natureza para asegurar nais á raza. E a natureza non ten en conta as consecuencias morais nin as arbitrarias condicións que creamos e que nos sentimos obrigados a manter custe o que custe. —Si –dixo ela–. Os anos pasados parecen un soño, e se un puidese continuar durmindo e soñando... pero espertar e atopar que... Mais, despois de todo, tal vez, sexa mellor espertar, incluso para sufrir, que botar toda a vida víctima do engano. —Paréceme, querida nena –dixo o doutor, a piques de marchar, mentres sostiña a man de Edna–, que ten problemas. Non lle vou pedir que mos conte. Só lle direi que se nalgún momento se sente inclinada a confiarmos, quizá poida axudarlle. De seguro que a había comprender, e direille máis, non hai moitos que o farían. Non hai moitos querida. —Por algún motivo, non tendo a falar de cousas que me amolan. Non pense que son desagradecida ou que non aprecio o seu interese; só que hai períodos nos que o sufrimento e o desánimo se apoderan de min. E, sen embargo, non desexo máis que segui-lo meu propio camiño. Por suposto, iso é querer demasiado, cando se teñen que pisa-las vidas, sentimentos e prexuízos dos demais, pero, inda así, non quixera pisa-la vida dos pequenos. ¡Oh! Non sei o que digo, doutor. Boas noites. Non mo teña en conta. —Si que llo vou ter, se non me vén ver axiña. Falaremos de cousas das que nunca imaxinou que se puidese falar. Faranos ben ós dous. Non quero que se sinta culpable por nada, pase o que pase. Boas noites, pequena. Cruzou o enreixado, pero en lugar de entrar, sentou no chanzo do soportal. A noite estaba silandeira e calma. Toda a arrepiante emoción das últimas horas parecía esvaecer coma un enfeite lúgubre e incómodo que tan só tiña que afrouxar para librarse del. Volveu revivi-los momentos anteriores á chegada da mensaxe de Adèle; os seus sentimentos reaviváronse ó lembra-las verbas de Robert, a presión dos seus brazos, e o roce dos seus beizos contra os dela. Naquel intre non podía concibir maior gloria na terra que a da posesión do ser amado. Robert, ó expresarlle o seu amor xa se entregara en parte. Cando pensou que o tiña aí, ó alcance da man, esperándoa, sentiu que se paralizaba coa embriaguez da espera. Era tan tarde; de seguro que quedaría durmido. Espertaríao cun bico. Facíalle ilusión que estivese durmido para poder espelilo coas súas caricias. E, emporiso, lembraba as verbas de Adèle, cando lle murmurou: "Pense nos nenos; pense neles". Tiña intención de ocuparse deles (era unha decisión que se lle cravara na alma coma unha ferida mortal); pero non esta noite. Mañá sería o momento axeitado para pensar en todo. Robert non a estaba esperando no salonciño. Non se vía por ningures. A casa estaba baleira. Pero esborranchara nun esborranchado nun anaco de papel que xacía embaixo da lámpada: "Quérote. Adeus, porque te quero." Edna estivo a piques de esmorecer cando leu aquelo. Sentou no sofá. Logo tendeuse alí mesmo, sen emitir nin un son. Non durmiu. Non foi para o leito. A lámpada, tras pestanexar unhas cantas veces, acabou por apagarse. Inda seguía esperta pola mañá, cando Célestine abriu a porta da cociña e entrou para face-lo lume.
XXXIX Victor, con cravos e martelo na man, estaba a amañar, con anaquiños de madeira, a esquina dun dos corredores. Mariquita, sentada ó pé del, bambeaba as pernas, mentres o vía traballar, e achegáballe os cravos da caixa das ferramentas. Caía o sol, abrasador, riba deles. A moza tapara a cabeza cun mandil pregado en forma de rectángulo. Había unha hora ou máis que falaban. Ela non cansaba nunca de escoitar a Victor describi-la cea na casa da señora Pontellier. Esaxeraba cada detalle, describíndoa coma unha auténtica festa Lucílea. Había enormes testos de flores. Bebíase champaña arreo en grandes copas douradas. Venus xurdindo da escuma, non sería un espectáculo máis fascinante que a señora Pontellier, que, cegando coa súa beleza e diamantes, presidía a mesa, mentres as demais mulleres eran todas hurís novas dotadas de incomparables encantos. A Mariquita metéuselle na cabeza que Victor estaba namorado da señora Pontellier, e, pola súa parte, el dáballe respostas evasivas, como querendo confirma-las súas sospeitas. Foise poñendo de mal xenio e acabou por chorar un pouquiño, ameazando con liscar e deixalo coas súas elegantes damas. Había en Chernière unha ducia de homes tolos por ela, e xa que estaba de moda namorarse da xente casada, por qué non podía escapar sempre que quixese a Nova Orleáns co home de Celina. O home de Celina era un idiota, un covarde e un porco, e, para demostrarllo, a próxima vez que o vise tiña a intención de converterlle os miolos en xelatina a marteladas. Este compromiso consolou a Mariquita. Secou os ollos e empezou a animarse coa perspectiva. Aínda estaban a falar da cea e dos encantos da cidade cando a mesmísima señora Pontellier apareceu na esquina da casa. Os dous mozos quedaron sen fala do abraio ante o que consideraron unha aparición. Pero a verdade é que era ela en carne e óso, cansa e un pouco manchada da viaxe. —Subín camiñando dende o ancoradoiro –dixo ela–, e escoitei as marteladas. Supuxen que era vostede amañando o soportal. É unha boa idea. Sempre batía nesas táboas soltas o verán pasado. ¡Que triste e deserto parece esto! A Victor custoulle certo tempo entender que ela chegara na lugre de Beaudelet, soa, e sen outro propósito que o de descansar. —Como ve, aínda non hai nada preparado. Deixareille o meu cuarto; é o único sitio. —Sérveme calquera recuncho –asegurou ela. —Iso, se pode soporta-los guisos de Philomel –continuou a dicir Victor–, inda que tamén podería intentar que viñese a súa nai no tempo que vostede quede. ¿Cres que viría? –preguntou, volvéndose para Mariquita. Mariquita cría que a nai de Philomel quizais podería vir por uns días, e os cartos suficientes. Ó ver aparecer á señora Pontellier, a moza sospeitou de seguida que se trataba dunha cita de amantes. Pero o abraio de Victor era tan auténtico, e a indiferencia da señora Pontellier tan evidente, que a desagradable idea non permaneceu por moito tempo na súa cabeza. Contemplaba coa máxima atención a esa muller que daba as ceas máis suntuosas de América e tiña a tódolos homes de Nova Orleáns ós seus pés. —¿A que hora se cea? –preguntou Edna–. Teño moita fame; pero non fagan nada de extraordinario. —A cea estará lista dentro de pouco–, dixo el, apurando a garda-las ferramentas–. Pode ir ó meu cuarto a arranxarse e descansar. Mariquita amosaralle ónde está. —Gracias –dixo Edna–. Pero, ¿sabe unha cousa? Teño a intención de baixar á praia antes de cear e darme un bo baño, e mesmo nadar un pouco. —¡A auga esta demasiado fría! –exclamaron os outros dous a coro–. ¡Nin se lle ocorra! —Daquela, baixarei e probarei na punta dos dedos. A verdade é que o sol está forte de máis como para ter quentado o mesmísimo océano. ¿Poderíanme conseguir vostedes un par de toallas? Máis vale que lisque agora mesmo, para estar de volta a tempo. Se espero ata a tarde, vai ir demasiado fresco. Mariquita apresurouse ó cuarto de Robert e regresou con varias toallas para Edna. —A ver se hai peixe para cear –dixo Edna, mentres se afastaba–, pero non preparen nada extraordinario se non o teñen. —Corre busca-la nai de Philomel –ordenoulle Victor á moza–. Eu irei á cociña ve-lo qué podo argallar. Dende logo, as mulleres non teñen consideración ningunha. ¿Non me podía avisar antes de que ía vir? Edna camiñou ata a praia case coma unha autómata, sen percibir, en especial, nada que non fose a calor do sol. Non tiña a cabeza concentrada en ningunha idea concreta. O que tiña que pensar xa o pensara trala marcha de Robert, cando quedara esperta no sofá ata o amencer. Repetía para si unha e outra vez: "Hoxe é Arobin. Mañá será outro calquera. Para min non hai diferencia. En canto a Léonce Pontellier, a cousa non ten importancia. ¿Pero Raoul e Étienne?" Agora comprendía claramente o que quixera dicir cando, había tempo, lle comunicara a Adèle Ratignolle que sería quen de abandona-lo que non fose esencial, pero que nunca se había sacrificar polos nenos. Atrapáraa o desalento aquela noite en vela para non ceibala xamais. Non había nada no mundo que desexase, nin ser humano que quixese ter ó seu carón, agás Robert. Pero mesmo era consciente de que tamén chegaría o día no que o pensamento de Robert había esvaecer da súa existencia, deixándoa soa. Os nenos aparecían ante ela coma antagonistas que a derrotaran, que puideran coas súas forzas e que tentaban arrastrala cara á escravitude da alma para o resto dos seus días. Pero sabía cómo evitalos. Non pensaba en nada desto ó baixar cara á praia. A auga do Golfo estendíase ante ela resplandecente baixo os milleiros de luces do sol. A voz do mar é seductora, inesgotable, murmuradora, clamorosa; invita á alma a perderse nos abismos da soidade. Non había unha alma en toda a praia. Arriba, un paxaro cunha ala rota batía o aire; daba voltas sobre si mesmo, vacilaba, caía en círculos na auga, impotente. Edna atopou o seu vello traxe de baño, esbrancuxado, pendendo da mesma percha. Púxoo e deixou a roupa na caseta. Pero unha vez que se atopou ó pé do mar, totalmente soa, despoxouse daquela prenda desagradable que a picaba, e, por primeira vez na súa vida, quedou espida ó aire libre, a mercé do sol, da brisa que batía nela e das ondas que a convidaban. ¡Que raro e impresionante resultaba estar espida baixo o ceo! ¡Que delicioso! Sentiuse coma unha criatura acabada de nacer, que abre os ollos a un mundo familiar que nunca coñeceu. As ondiñas escumosas arremuiñábanse contra os seus brancos pés, enroscándoselle nos nocellos coma serpes. Camiñou. A auga estaba fría, pero continuou. Notaba cada vez máis a profundidade da auga, pero elevou o seu branco corpo e nadou para dentro con brazadas longas e amplas. O contacto do mar é sensual, envolve o corpo cunha aperta doce e íntima. Seguiu e seguiu. Lembrou aquela noite na que se arredara nadando, e tivo presente o terror que a asolara cando temeu non ser quen de volver á beiramar. Agora xa non miraba atrás, pero seguía e seguía, pensando no prado de herba azulada que percorría cando era pequena, crendo que non tiña nin principio nin fin. Os brazos e as pernas comezaban a cansar. Pensou en Léonce e nos nenos. Eran parte da súa vida, pero non deberían ter crido que a podían posuír en corpo e alma. ¡Como había rir Mademoiselle Reisz, quizais con escarnio, de sabelo! "¡E vostede considérase unha artista! ¡Que pretensións, Madame! O artista posúe unha alma brava que se atreve e desafía". O cansazo estaba oprimíndoa, e deixándoa sen folgos. "Adeus porque te amo." ¡Que sabería el! ¡Que entendería el! Nunca o chegaría a entender. Se cadra o Doutor Mandelet chegaría a entendela se fose velo, pero era tarde de máis. A beira estaba moi lonxe e xa non lle quedaban forzas. Mirou ó lonxe, e o vello terror prendeu nela por un intre, para liscar logo outra vez. Escoitou as voces do seu pai e da súa irmá Margaret. Escoitou o ladrar do vello can que estaba atado cunha cadea ó sicómoro. As esporas do oficial de cabalería resoaban mentres cruzaba o soportal. Había un zunido de abellas, e o pegañento cheiro dos caraveis enchía o aire. [1] ¡Fóra! ¡Fóra! ¡Polo amor de Deus! [2] bata [3] carruaxe de catro rodas, fabricada en Rockaway, New Jersey [4] Larpeiradas [5] partos [6] compañerismo, camaradería [7] ¡Polo amor de Deus! [8] ¡Veña! ¡Lisca! [9] ¡Mentireiro, bromista, non sexas paspallán! [10] ¡Non está mal! Sabe o que fai, ten talento. [11] querida [12] miña pobriña [13] ¡Vaites! ¡Madame Ratignolle está celosa! [14] bromista [15] ¡Válgame Deus! [16] ¡Abur! [17] bo rapaz [18] tolandrán [19] ¡Fóra! ¡Polo amor de Deus! [20] Pos de arroz [21] ¡Ai! ¡Se ti souberas! [22] Caldo de peixe. [23] Convencións sociais [24] porta para as carruaxes [25] velada musical [26] como unha boa ama de casa [27] estudio, taller [28] cuartos amoblados [29] réxime [30] miña elegante amiga [31] en calidade de amigo [32] ¡Deica xoves! [33] Veladas musicales [34] aburguesadas [35] castañas confitadas con zucre [36] queixo orixinario deGruyère (Suíza) [37] ruliña [38] a dicir verdade [39] ser superior [40] miña raíña [41] golpe de estado [42] porcelana de Sevrès [43] doente, indisposta [44] pseudónimo [45] primeiro plato, entremeses [46] moi indisposta [47] boas noites miña raíña, sexa boa [48] ¡Caramba! [49] ¡Se ti souberas...! [50] ¡Se ti souberas...! ¡O que os teus ollos me din! [51] xardín [52] coidado da casa [53] xogo de cartas [54] fala rexional e popular [55] mulata [56] porta para as carruaxes |