Personaxes da obra:
JOHN WORTING, J. P.
ALGERNON MONCRIEFF
REV. CANON CHASUBLE, D. D.
MERRIMAN, mordomo
LANE, criado
LADY BRACKNELL
HON. GWENDOLEN FAIRFAX
CECILY CARDEW
MISS PRISM, institutriz.
Acto Primeiro
Escena: nunha estancia do piso de Algernon en Half-Moon
Street, en Londres. O cuarto está luxosa e artisticamente amoblado.
Escóitase o son dun piano na estancia do lado.
Lane está servindo o té na mesa. E logo que remata a música,
entra Algernon.
ALGERNON: ¿ Escoitáche-lo que estaba tocando, Lane?
LANE: Non creo que sexa de boa educación escoitar, señor.
ALGERNON: Síntoo por vostede. Non toco moi ben... todo o mundo
pode tocar ben... pero eu toco cunha expresión marabillosa. En
canto ó piano, o sentimento é o meu forte. Gardo a ciencia
para a Vida.
LANE: Si, señor.
ALGERNON: E, falando da ciencia da Vida, ¿preparou vostede os
bocadillos de cogordo para lady Bracknell?
LANE: Si, señor. (Ensínallos nunha bandexa.)
ALGERNON: (Examínaos, colle dous e senta no sofá.)
¡Oh! A propósito, Lane: vin no seu libro que o xoves pola
noite, cando lord Shoreman e míster Worthing estiveron ceando
comigo, anotou que tomaran oito botellas de champaña.
LANE: Si, señor, oito botellas e unha pinta.
ALGERNON: ¿ Por que será que na casa dun solteiro son
sempre os criados os que beben a champaña? Pregúntoo simplemente
por curiosidade.
LANE: Eu atribúoo á calidade superior do viño,
señor. Observei con frecuencia que nas casas dos señores
casados a champaña rara vez é de primeira calidade.
ALGERNON: ¡Santo ceo! ¿ É tan desmoralizador o matrimonio?
LANE: Creo que é un estado moi agradable, señor. Ata agora
teño moi pouca experiencia. Só estiven casado unha vez.
Foi por mor dun erro entre unha moza e mais eu.
ALGERNON: (Languidamente.) Non estou moi interesado na súa
vida familiar, Lane.
LANE: Non, señor; non é un tema moi interesante. Eu nunca
penso nela.
ALGERNON: É moi natural. Iso é todo, Lane. Gracias.
LANE: Gracias, señor. (Lane sae.)
ALGERNON: Os puntos de vista de Lane sobre o matrimonio parecen algo
frouxos. Realmente, se as clases baixas non nos dan un bo exemplo, ¿para
que diaño serven? Como clase social, parece que non teñen
absolutamente ningún sentido da responsabilidade moral. (Entra
Lane.)
LANE: Míster Ernest Worthing.
ALGERNON: ¿Como estás, querido Ernest? ¿Que te
trae pola cidade?
JACK: ¡Oh! O pracer, o pracer! ¿Que outra cousa poder ser?
¡Xa vexo que estás comendo coma de costume, Algy!
ALGERNON: (Severamente.) Creo que é costume na boa sociedade
tomar un lixeiro refrixerio ás cinco. ¿Onde estiveches
o xoves pasado?
JACK: (Sentando no sofá.) No campo.
ALGERNON: ¿É que diaño fas alí?
JACK: (Quitando as luvas.) Cando un está na cidade,
divírtese. Cando un está no campo, divirte ós demais.
E iso é moi aburrido.
ALGERNON. ¿É quen son ós que divirtes?
JACK: (Alegremente.) ¡Oh! Veciños, veciños.
ALGERNON: ¿Tes bos veciños en Shropshire?
JACK: ¡Perfectamente horribles! Nunca falo con ningún.
ALGERNON: ¡Canto debes divertilos! (Levántase e colle
un bocadillo.) A propósito, ti naciches en Shropshire, ¿verdade?
JACK: ¿Eh? ¿Shropshire? Si, desde logo. ¡Vaia! ¿por
que todas esas cuncas? ¿Por que estes bocadillos de cogordo?
¿Por que tanto dispendio nun home tan novo coma ti? ¿Quen
vai vir toma-lo lo té?
ALGERNON: ¡Oh! Simplemente a miña tía Augusta e
Gwendolen.
JACK: ¡Que deleite!
ALGERNON: Si, todo está moi ben, pero teño medo de que
a tía Augusta non aprobe que ti esteas aquí.
JACK: ¿Podo preguntar por que?
ALGERNON: Querido amigo, a forma que tes de facerlle as beiras a Gwendolen
é vergoñenta. Case tanto como a forma que ten Gwendolen
de facerche as beiras a ti.
JACK: Amo a Gwendolen. Vin á cidade expresamente para declararme.
ALGERNON: Crin que viñas na busca de pracer. Eu a isto chámolle
negocios.
JACK: ¡Que pouco romántico es!
ALGERNON: Realmente non vexo nada romántico en declararse. Estar
namorado é moi romántico. Pero non hai nada romántico
nunha declaración definitiva. Ata lle poden dicir a un que si.
E creo que as máis das veces ocorre desa forma. Entón,
remata a paixón. A verdadeira esencia do romanticismo é
a incerteza. Se algunha vez me caso, procurarei esquece-lo feito.
JACK: Non teño ningunha dúbida diso, querido Algy. O divorcio
foi inventado especialmente para a xente cunha memoria que está
curiosamente constituída.
ALGERNON: ¡Oh! É inútil discutir sobre este tema.
Os divorcios lévanse a cabo no ceo... (Jack fai acenos de
coller un bocadillo. Algernon interponse rapidamente.) Por favor,
non toques ós bocadillos de cogordo. Están preparados
especialmente para tía Augusta. (Colle un e cómeo.)
JACK: Pero se ti estiveches a comelos todo o tempo.
ALGERNON: É completamente diferente. É a miña tía.
(Colle o prato de debaixo.) Come pan con manteiga.O pan e a
manteiga son para Gwendolen. A Gwendolen gústalle con loucura
o pan con manteiga.
JACK: (Dirixíndose á mesa e servíndose.)
E este pan e esta manteiga están moi bos.
ALGERNON: Ben, querido amigo, non necesitas comer como se fose rematar
con todo. Actúas como se xa estiveses casado con ela. E aínda
non o estás, e non creo que o esteas xamais.
JACK: ¿Por que diaño dis iso?
ALGERNON: Ben, en primeiro lugar, as mozas nunca casan cos homes cos
que coquetean. Non o ven ben.
JACK: ¡Oh! Iso é unha parvada.
ALGERNON: Non o é. É unha verdade moi grande. Iso é
o motivo do extraordinario número de solteiros
que hai en tódolos sitios. En segundo lugar, eu non dou o meu
consentimento.
JACK: ¡O teu consentimento!
ALGERNON: Querido amigo, Gwendolen é a miña curmá
carnal. E antes de permitires que ti cases con ela, terás que
aclararme todo o asunto de Cecily. (Soa o timbre.)
JACK: ¡Cecily! ¿Que queres dicir? ¿Que é
iso de Cecily? Non coñezo a ninguén que se chame Cecily.
(Entra Lane.)
ALGERNON: Tráiame a cigarreira que míster Worthing deixou
na sala de fumar a última vez que ceou aquí.
LANE: Si, señor. (Lane sae.)
JACK: ¿Queres dicir que tivéche-la miña cigarreira
todo este tempo? Gustaríame que tivése-la amabilidade
de facermo saber. Escribinlle cartas iracundas a Scotland Yard sobre
o asunto. Estiven a piques de ofrecer unha recompensa moi grande.
ALGERNON: Ben, pois gustaríame que a ofreceses. Estou máis
falto de diñeiro que de costume.
JACK: Non estaría ben ofrecer unha recompensa agora que se atopou
o obxecto. (Entra Lane coa cigarreira nunha bandexa. Algernon cóllea
inmediatamente. Lane sae.)
ALGERNON: Debo dicirche, Ernest, que pecas un pouco de mesquiño.
(Abre a cigarreira e examínaa.) Nembargantes, non importa,
porque agora que vexo a inscrición que hai dentro, decátome
de que o obxecto, despois de todo, non é teu.
JACK: Naturalmente que é meu. (Desprazándose cara
a el.) Víchelo na miña man centos de veces e non
tes ningún dereito a le-lo que hai escrito na parte de dentro.
Non é de cabaleiros le-la inscrición que hai dentro dunha
cigarreira persoal.
ALGERNON: É absurdo ter unha soa regra sobre o que debe ou non
debe lerse. Máis da metade da cultura moderna depende do que
non se debe ler.
JACK: Estou completamente de acordo con iso e non me propoño
discutir sobre cultura moderna. É da clase de cousas ás
que a un non lle gusta falar en privado. Simplemente quero a miña
cigarreira.
ALGERNON: Si, pero esta cigarreira non é túa. Esta cigarreira
é un regalo de alguén que se chama Cecily, e ti dixeches
que non coñeces a ninguén con ese nome.
JACK: Ben, se queres sabelo, Cecily é a miña tía.
ALGERNON: ¡A túa tía!
JACK: Si, é unha vella encantadora. Vive en Tunbridge Wells.
Devólveme iso, Algy.
ALGERNON: (Poñéndose detrás do sofá.)
Pero ¿por que se chama a si mesma a pequena Cecily, se é
tía túa e vive en Tunbridge Wells? (Lendo.) “Da
pequena Cecily, co seu más tenro amor”.
JACK: (Desprazándose cara ó sofá e poñéndose
de xeonllos diante del.) Querido amigo, ¿que hai de raro
niso? Algunhas tías son altas e outras non o son. Esa é
unha cousa que seguramente as tías poden decidir por si mesmas.
¡Parece que cres que tódalas tías teñen que
ser exactamente coma a túa! ¡Iso é absurdo! ¡Polo
amor de Deus, dáme dunha vez a miña cigarreira! (Persegue
a Algernon por toda a estancia..)
ALGERNON: Si, pero entón, ¿por que a túa tía
che chama tío seu? “Da pequena Cecily, con seu máis
tenro amor, ó seu querido Jack”. Admito que non hai nada
estraño en que unha tía sexa baixa, pero en que unha tía
lle chame ó seu propio sobriño tío, non pode chegar
a entendelo. Ademais, o teu nome non é Jack, senón Ernest.
JACK: Non é Ernest, é Jack.
ALGERNON: Ti sempre me dixeches que era Ernest. Presenteite a todos
como Ernest. Respondes ó nome de Ernest. Tes aspecto de chamarte
Ernest. E-la persoa de aspecto máis formal que vin na miña
vida. É perfectamente absurdo dicir que o teu nome non é
Ernest. Dino as túas tarxetas. Aquí hai unha delas.
(Sacando unha da cigarreira.) “Míster Ernest Worthing,
B. 4, The Albany”. Conservareina como proba de que o teu nome
é Ernest. Por se algunha vez intentas negarmo a min, a Gwendolen
ou a calquera outra persoa. ( Garda a tarxeta no peto.)
JACK: Ben, o meu nome é Ernest na cidade e Jack no campo, e a
cigarreira regaláronma no campo.
ALGERNON: Si, pero iso non explica o feito de que a túa pequena
tía Cecily, que vive en Tunbridge Wells, che chame querido tío.
Vamos, home, é mellor que mo contes todo dunha vez.
JACK: Querido Algy, falas exactamente como se foses un dentista. É
moi vulgar falar coma un dentista cando un non o é. Produce unha
falsa impresión.
ALGERNON: Ben, iso é exactamente o que fan os dentistas. ¡Agora,
veña, dimo todo! Podo dicirche que sempre sospeitei que eras
un secreto e consumado bunburysta; e agora estou completamente seguro
diso.
JACK: ¿ Bunburysta? ¿Que diaños quere dicir bunburysta?
ALGERNON: Revelareiche o significado desa incomparable expresión
tan pronto como me digas por qué es Ernest na cidade e Jack no
campo.
JACK: Primeiro dáme a miña cigarreira.
ALGERNON: Aquí a tes. (Dálle a cigarreira.) Agora
dáme a explicación, e procura que sexa bastante inverosímil.
(Séntase no sofá.)
JACK: Querido amigo, non hai nada de inverosímil na miña
explicación. En realidade, é moi vulgar. O vello míster
Thomas Cardew, que me adoptou cando eu era un neno, nomeoume titor da
súa neta, miss Cecily Cardew. Cecily, que me chama tío
por motivos de respecto que ti probablemente non poidas apreciar, vive
na miña casa de campo baixo o coidado da súa admirable
institutriz, miss Prism.
ALGERNON: A propósito: ¿onde está a túa
casa de campo?
JACK: Iso non che importa, querido amigo. Non te vou invitar. Pero o
que podo dicirche é que non está en Shropshire.
ALGERNON: ¡ Iso xa o sospeitaba! Bunburycei todo Shropshire en
dúas ocasións distintas. Agora, segue. ¿Por que
Ernest na cidade e Jack no campo?
JACK: Meu querido amigo Algy, non sei se serás quen de entende-los
meus verdadeiros motivos. Non es bastante serio. Cando un ten o cargo
de titor, debe adoptar unha actitude moral moi elevada en tódolos
aspectos. É un deber facelo así. E como unha actitude
moral elevada raras veces conduce a teres felicidade e saúde,
para poder vir á cidade, sempre finxín ter un irmán
chamado Ernest, que vive en Albany e que sempre ten terribles complicacións.
Esa, meu querido Algy, é toda a pura e simple verdade.
ALGERNON: A verdade raras veces é pura e nunca é simple.
A vida moderna sería moi aburrida se a verdade fose así,
e a literatura moderna sería completamente imposible.
JACK: Iso non estaría mal de todo.
ALGERNON: A crítica literaria non é o teu forte, querido
amigo; non intentes facela. Debes deixala para a xente que non estivo
na universidade. Nos periódicos fana moi ben. Realmente, ti es
un bunburysta. Teño razón por completo ó dicir
que es un bunburysta. Es un dos máis acérrimos bunburystas
que coñezo.
JACK: ¿Que diaños queres dicir?
ALGERNON: Ti inventaches un irmán máis pequeno, moi útil
chamado Ernest para poder vir á cidade sempre que queiras. Eu
inventei un inestimable inválido chamado Bunbury para poder ir
ó campo cando me pareza. Bunbury é completamente inestimable.
Senón fose pola extraordinaria mala saúde de Bunbury,
eu non podería, por exemplo, ir cear contigo esta noite a Willis,
porque teño un compromiso coa tía Augusta dende hai máis
dunha semana.
JACK: Eu non te invitei a cear comigo esta noite a ningures.
ALGERNON: Xa o sei. Es completamente descoidado niso de facer invitacións.
É unha parvada pola túa parte. Nada anoxa tanto á
xente como non recibir invitacións.
JACK: Sería mellor que ceases coa túa tía Augusta.
ALGERNON: Non teño a intención de facer tal cousa. En
primeiro lugar, ceei con ela o luns, e cear cos parentes unha vez por
semana xa é bastante. En segundo lugar, cando ceo alí,
trátanme como a un membro da familia, e sempre me fan marchar
sen ningunha muller ou con dúas á vez. En terceiro lugar,
sei perfectamente ben xunta que persoa me colocarían esta noite.
Sería xunto de Mary Farquhar, que sempre coquetea co seu home
por entre a mesa. Iso non é moi agradable. En realidade, nin
sequera é decente... E é unha clase de cousas ás
que a xente se acostuma cada día máis. É perfectamente
escandalosa a cantidade de mulleres que en Londres coquetean cos seus
propios homes. Iso non está ben. É exactamente como se
un levase en público a roupa limpa. Ademais, agora que sei que
es un verdadeiro bunburysta, é natural que queira falar contigo
respecto do bunburysmo. Quero dicirche as regras polas que se rexe.
JACK: Eu non son en absoluto un bunburysta. Si Gwendolen me acepta,
matarei ó meu irmán. De verdade, creo que o matarei de
todas formas. Cecily está demasiado interesada nel. Resulta un
pouco aburrido. Así pois, voume desfacer de Ernest. E recoméndoche
firmemente que fága-lo mesmo con Mr. ... co teu inválido
amigo que ten un nome tan absurdo.
ALGERNON: Nada me inducirá a desfacerme de Bunbury, e no caso
de que ti chegases a casar, cousa que me parece extremadamente problemática,
alegraríaste moito de coñecer a Bunbury. Un home que case
sen coñecer a Bunbury sempre estará moi aburrido.
JACK: Iso son parvadas. Se caso cunha moza tan encantadora como Gwendolen,
e se ela é a única muller que algunha vez vin na miña
vida coa que me gustaría casar, entón non quero coñecer
a Bunbury.
ALGERNON: Entón a que quererá será a túa
muller. Non pareces darte conta de que na vida de casado tres son compañía
e dous non son ninguén.
JACK: (Sentenciosamente.) Esa, meu ben querido amigo, é
a teoría que o corruptor teatro francés propagou durante
os últimos cincuenta anos.
ALGERNON: Si, e que o feliz fogar inglés demostrou na metade
dese tempo.
JACK: ¡Polo amor de Deus! Non intentes ser cínico. Ser
cínico é demasiado fácil.
ALGERNON: Meu querido amigo, hoxe en día non hai nada que sexa
fácil. En todo existe unha competición bestial. (Escóitase
o son dun timbre eléctrico.) ¡Ah! Esa debe ser tía
Augusta. Só os parentes ou os acredores chaman desa forma. Se
consigo entretela durante dez minutos, para que téña-la
oportunidade de pedirlle matrimonio a Gwendolen, ¿cearás
comigo esta noite en Willis?
JACK: Supoño que si, se ti queres.
ALGERNON: Si, pero que sexa verdade. Aborrezo á xente que mente
no relativo ás comidas. ¡É unha frivolidade tan
grande pola súa parte! ( Entra Lane.)
LANE: Lady Bracknell e miss Fairfax. (Algernon diríxese a
elas. Entra Lady Bracknell e Gwendolen.)
LADY BRACKNELL: Boas tardes, querido Algernon. Espero que todo che vaia
ben.
ALGERNON: Encóntrome perfectamente, tía Augusta.
LADY BRACKNELL: Iso non é o mesmo. Rara vez esas dúas
cousas van xuntas. (Ve a Jack e saúdao friamente cunha reverencia.)
ALGERNON: ( A Gwendolen.) ¡Querida, estás espectacular!
GWENDOLEN: Eu sempre estou espectacular, ¿non é así,
Mr. Worthing?
JACK: Está vostede perfecta, miss Fairfax.
GWENDOLEN: ¡Oh! Espero que iso non sexa certo. Iso significaría
que non podo perfeccionarme, e eu pretendo perfeccionarme en tódolos
sentidos. ( Gwendolen e Jack sentan xuntos nun recuncho.)
LADY BRACKNELL: Perdoe se chegamos un pouco tarde, Algernon; pero vinme
na obriga de visitar á querida Lady Harbury. Non estiven con
ela desde a morte do seu home. Nunca vin unha muller tan cambiada; parece
vinte anos máis nova. E agora tomarei unha cunca de té
e un deses nove magníficos bocadillos de cogordo que me prometiches.
ALGERNON: Por suposto, tía Augusta. ( Diríxese á
mesa.)
LADY BRACKNELL: ¿Por que non vés e sentas aquí,
Gwendolen?
GWENDOLEN: Gracias, mamá, pero atópome moi a gusto onde
estou.
ALGERNON: (Collendo un prato baleiro con horror.) ¡Santo
ceo! ¡Lane! ¿Por que non hai bocadillos de cogordo? Mandei
preparalos para a ocasión.
LANE: (Gravemente.) Non había cogordos está mañá
na praza, señor. Fun dúas veces.
ALGERNON: ¡Non había cogordos!
LANE: Non, señor. Nin sequera pagándoos no momento.
ALGERNON: Moi ben, Lane. Gracias.
LANE: Gracias, señor. (Marcha.)
ALGERNON: Sinto moitísimo, tía Augusta, que non houbese
cogordos, nin sequera pagando por eles no momento.
LADY BRACKNELL: Non importa, Algernon. Tomei unhas pastas de té
con Lady Harbury, que agora parece que vive única e exclusivamente
para o pracer.
ALGERNON: Escoitei que o seu pelo virou louro coa dor.
LADY BRACKNELL: Desde logo que cambiou a cor, pero o motivo diso non
cho sabería dicir. (Algernon serve o té.) Gracias. Algernon,
preparei unha festa para esta noite. Voute poñer con Mary Farquhar.
É unha muller tan bonita, e tan atenta e considerada co seu home...
É marabilloso observalos.
ALGERNON: Síntoo moito, tía Augusta, pero temo que non
vou poder gozar do pracer de cear contigo esta noite.
LADY BRACKNELL: (Engruñando o cello.) Espero que iso
non ocorra. Estragarías por completo a miña mesa. Teu
tío tería que cear arriba. Afortunadamente, xa está
acostumado a iso.
ALGERNON: É unha pena, e non fai falta que diga que me entristece
moito, pero o feito é que recibín un telegrama dicíndome
que o meu pobre amigo Bunbury está moi enfermo outra vez. (El
e Jack intercambian miradas.) É oportuno que estea ó
seu carón.
LADY BRACKNELL: É moi estraño, ese Bunbury ten unha mala
saúde moi curiosa.
ALGERNON: Si, o pobre Bunbury está moi inválido.
LADY BRACKNELL: Ben, Algernon, debo dicirche que creo que vai sendo
hora de que Mr. Bunbury se decida dunha vez se vai vivir ou morrer.
Os titubeos respecto desa cuestión parécenme absurdos.
Ademais, non aprobo de ningunha maneira a simpatía que se lles
ten hoxe en día ós inválidos. Considéroo
morboso. A enfermidade é unha cousa que non debe ser alentada
nos outros. A saúde é a primeira obrigación na
vida. Eu sempre llo digo ó teu pobre tío, pero el parece
non darse de conta, aínda que se produza unha melloría
nas súas doenzas. Estaríache moi agradecida se lle dixeses
a Mr. Bunbury da miña parte que non sufra unha recaída
o sábado, pois confío a preparación do concerto
na túa persoa. É a miña última recepción.
E quero a alguén que anime as conversas, principalmente ó
final da temporada, cando todo o mundo dixo o que tiña que dicir,
o que, na maioría dos casos, non é moito.
ALGERNON: Direillo a Bunbury, tía Augusta, se é que aínda
segue consciente e pode escoitarme, e creo que podo prometerche que
el estará ben para o próximo sábado. Dende logo,
a música é unha cuestión difícil. De feito,
se un toca boa música, ninguén escoita, e se toca mala
música, a xente non fala. Pero mostrareiche o programa que deseñei,
se te-la amabilidade de acompañarme ata o cuarto do lado.
LADY BRACKNELL: Gracias, Algernon. É moi considerado pola túa
parte. (Levantándose e seguindo a Algernon.) Estou segura de
que o programa será estupendo, despois dalgunha modificación.
As cancións francesas non as podemos permitir. A xente sempre
parece crer que son impropias, e ata se desgusta, o cal é moi
vulgar, ou rin, o cal é moito peor. Pero o alemán parece
un idioma respectable, e, de feito, creo que o é. Gwendolen,
¿acompáñasme?
GWENDOLEN: Desde logo, mamá. ( Lady Bracknell e Algernon
van ó salón de música. Gwendolen queda atrás.)
JACk: Fai un día encantador, miss Fairfax.
GWENDOLEN: Prégolle que non me fale do tempo, Mr. Worthing. Sempre
que a xente me fala do tempo, síntoo como se me quixesen dicir
algo máis. E iso ponme tan nerviosa...
JACK: Eu quero dicir outra cousa.
GWENDOLEN: Iso pensei eu, e non adoito equivocarme.
JACK: Gustaríame aproveita-la ausencia temporal de Lady Bracknell...
GWENDOLEN: Aconséllolle que o faga. Mamá ten o costume
de entrar de súpeto nas estancias, de maneira que a miúdo
téñollo que facer notar.
JACK: (Nervioso.) Miss Fairfax, desde que a vin admireina a
vostede máis que a calquera outra moza... dende que a coñecín...
dende que a coñecín...
GWENDOLEN: Si, estou bastante segura diso. E, moitas veces, desexei
que fose un pouco máis demostrativo en público. Vostede
sempre exerceu en min unha terrible fascinación. Antes de coñecelo
xa non me era indiferente. (Jack míraa abraiado.) Vivimos, como
vostede debe saber, Mr. Worthing, nunha época de ideais. Este
feito é a miúdo mencionado nas revistas mensuais máis
caras, e ata chegou a saberse en provincias. Pois ben, o meu ideal foi
sempre namorarme de alguén que se chamase Ernest. No momento
en que Algernon me dixo que tiña un irmán que se chamaba
Ernest, souben que xa estaba destinada a amalo.
JACK: ¿De verdade que me ama, Gwendolen?
GWENDOLEN: ¡Con paixón!
JACK: ¡Querida! Non sabe o feliz que me fai.
GWENDOLEN: ¡Meu Ernest!
JACK: Pero... ¿con iso non quererá dicir que vostede non
me amaría se o meu nome non fose Ernest?
GWENDOLEN: Pero o seu nome é Ernest.
JACK: Si, xa o sei. Pero supoñendo que fose outro calquera, ¿significaría
iso que xa non me amaría?
GWENDOLEN: (Con moita leria.) ¡Ah! Iso é unha especulación
metafísica, e, coma moitas das especulacións metafísicas,
ten moi pouco que ver cos feitos da vida real.
JACK: Persoalmente, amada miña, falándolle con franqueza,
pódolle dicir que non me preocupa chamarme Ernest... Non creo
ademais que ese nome me sente moi ben.
GWENDOLEN: Séntalle moi ben. É un nome divino. Ten a súa
propia música. Produce vibracións.
JACK: Ben, Gwendolen, debo dicir que creo que hai montóns de
nomes moito máis bonitos. Creo que Jack, por exemplo, é
un nome encantador.
GWENDOLEN: ¿Jack? Non, Jack é un nome con moi pouca música.
Non me conmove. Non produce absolutamente ningunha vibración.
Coñecín a varios Jack, e todos eles, sen excepción,
eran máis feos do normal. Ademais, Jack é o nome familiar
de John. Compadezo a muller que case cun home chamado John. Probablemente
nunca poderá coñece-lo extraordinario pracer dun momento
de soidade. Realmente o único nome seguro é Ernest.
JACK: Gwendolen, debo bautizarme inmediatamente... Quero dicir que debemos
casar inmediatamente. Non hai tempo que perder.
GWENDOLEN: ¿Casar, Mr. Worthing?
JACK: (Abraiado.) Ben,... si. Vostede sabe que a amo e vostede
fíxome me crer que eu non lle son de todo indiferente.
GWENDOLEN: Adóroo, pero vostede aínda non mo propuxo.
Non falamos aínda nada sobre matrimonio. O tema aínda
non foi tratado.
JACK: Ben... ¿podo propoñerllo agora?
GWENDOLEN: Creo que sería unha admirable oportunidade. E para
evitar un posible desencanto, debo dicirlle de antemán que estou
disposta a responderlle que si.
JACK: ¡Gwendolen!
GWENDOLEN: Si, Mr. Worthing, ¿que ten que dicirme?
JACK: Vostede sabe o que teño que dicirlle.
GWENDOLEN: Si, pero vostede aínda non o dixo.
JACK: Gwendolen, ¿ quere casar comigo? ( Ponse de xeonllos.)
GWENDOLEN: Naturalmente, que quero, meu amor. ¡Canto tempo tardou
en atreverse a dicilo! Creo que ten vostede pouca experiencia declarándose.
JACK: Vida miña, nunca amei a ninguén agás a vostede.
GWENDOLEN: Si, pero os homes decláranse para practicar. Sei que
o meu irmá Gerald o fai. Dixéronmo tódalas miñas
amigas. ¡Que marabillosos ollos azuis ten vostede, Ernest! Son
completamente, completamente azuis. Espero que me mire vostede desa
maneira sempre que haxa xente diante. (Entra Lady Bracknell.)
LADY BRACKNELL: ¡Mr. Worthing! Levante vostede, señor,
desa postura medio tombada. É do máis indecorosa.
GWENDOLEN: ¡Mamá! (El intenta levantarse; ela reteno.)
Pídoche que te retires. Este non é sitio para ti.
Ademais, Mr. Worthing aínda non acabou.
LADY BRACKNELL: Acabar... ¿ o que? Se é que podo sabelo
GWENDOLEN: Estou prometida con Mr. Worthing, mamá.(Póñense
de pé os dous.)
LADY BRACKNELL: Perdoa, pero ti non estás prometida con ninguén.
Cando ti esteas prometida con alguén, eu, ou teu pai, se é
que a súa saúde llo permite, informarémoste de
feito. Un compromiso é algo que debe dicírselle a unha
moza como sorpresa, agradable ou desagradable, segundo sexa o caso.
Non é un asunto que deba arranxar ela mesma. E agora teño
unhas cantas preguntas que facerlle, Mr. Worthing. Mentres llas fago,
ti, Gwendolen, espérame abaixo na carruaxe.
GWENDOLEN: (En reproche.) ¡ Mamá!
LADY BRACKNELL: ¡Na carruaxe, Gwendolen! (Gwendolen vai cara
á porta. Ela e mais Jack lánzanse bicos ás costas
de Lady Bracknell. Lady Bracknell mira vagamente como se ela non puidese
entender de onde provén o ruído. Finalmente, vólvese.)
¡Gwendolen, á carruaxe!
LADY BRACKNELL: (Tomando asento.) Pode tomar vostede asento, Mr. Worthing.
(Tira do peto un caderno de notas e mais un lapis.)
JACK: Gracias, lady Bracknell, prefiro estar de pé.
LADY BRACKNELL: (Co caderno de notas e o lapis na man.) Síntome
na obriga de dicirlle que non está vostede na lista de mozos
elixibles, aínda que teño a mesma lista que a duquesa
de Bolton. De feito, traballamos xuntas. Sen embargo, estou disposta
a incluí-lo seu nome se as súas respostas responden ós
requirimentos dunha nai que ten verdadeira devoción pola súa
filla. ¿Fuma vostede?
JACK: Ben, si, debo admitir que fumo.
LADY BRACKNELL: Alégrame sabelo. Un home sempre debe ter ocupación
dalgunha clase. Hai demasiados homes ociosos en Londres. ¿Cantos
anos ten?
JACK: Vintenove anos.
LADY BRACKNELL: Unha idade moi boa para casar. Sempre fun da opinión
de que un home que desexa casar debe sabelo todo ou non saber nada.
¿Que sabe vostede?
JACK: (Despois dalgunha vacilación.) Non sei nada, lady
Bracknell.
LADY BRACKNELL: Alégrame sabelo. Non aprobo nada que atente contra
a ignorancia natural. A ignorancia é coma un delicado froito
exótico; tócalo e caeranlle as flores. A teoría
moderna da educación non produce beneficio ningún. Afortunadamente,
polo menos en Inglaterra, a educación non produce efecto bo.
Pola contra, sería un perigo para as clases altas e probablemente
levaría a actos de violencia en Grosvenor Square. ¿Cales
son os seus ingresos?
JACK: Arredor das sete ou oito mil libras ó ano.
LADY BRACKNELL: (Anótao no seu caderno.) ¿En
terras ou en investimentos?
JACK: En investimentos, principalmente.
LADY BRACKNELL: Iso está moi ben. Entre os deberes que lle esperan
a un na vida e os deberes que lle esperan a un despois de morto, a terra
deixou de ser un beneficio ou un pracer. Dálle a un posición,
pero impídenos mantela. Iso é todo o que se pode dicir
sobre a terra.
JACK: Teño unha casa de campo con un terreo unido a ela, desde
logo; uns mil cincocentos acres, creo; pero os meus ingresos reais non
dependen diso. De feito, polo que eu sei, os cazadores furtivos son
os que obteñen algún proveito dela.
LADY BRACKNELL: ¡Unha casa de campo! ¿Con cantos dormitorios?
Ben, ese punto poder ser aclarado máis tarde. ¿Terá
unha casa na cidade, non? Unha moza de carácter bo e sinxelo
como Gwendolen non podería vivir no campo.
JACK: Ben, eu teño unha casa en Belgrave Square, pero déixolla
todo o ano a lady Bloxham. De acordo, podo desaloxala sempre que queira,
pero cunha notificación con seis meses de antelación.
LADY BRACKNELL: ¿Lady Bloxham? Non a coñezo.
JACK: ¡Oh! Sae moi pouco. É unha muller entrada en anos.
LADY BRACKNELL: ¡Ah! Pero hoxe en día non é garantía
de respectabilidade. ¿Que número en Belgrave Square?
JACK: O cento corenta e nove.
LADY BRACKNELL: (Movendo a cabeza.) O lado que non está de moda.
Xa supoñía que había algo. Sen embargo, iso pódese
solucionar facilmente.
JACK: ¿Quere dicir a moda ou o lado?
LADY BRACKNELL: (Severamente.) Ámbalas dúas cousas, se
é necesario, supoño. ¿Que é vostede en política?
JACK: Ben, temo que non son nada. En todo caso, un Liberal Unionista.
LADY BRACKNELL: ¡Oh! É vostede un conservador. Eles cean
connosco, ou polo menos veñen polas noites. Agora vaiamos cos
asuntos de menor importancia, ¿viven os seus pais?
JACK: Perdín os dous.
LADY BRACKNELL: ¿Os dous? Perder un deles é unha desgracia,
pero perde-los dous é un descoido. ¿Quen era seu pai?
Un home de certa riqueza, supoño. ¿El naceu no que os
radicais chaman a púrpura do comercio ou o berce da aristocracia?
JACK: Pois non o sei. O feito é, lady Bracknell, que aínda
que lle dixen que perdín a meus pais, mellor dito foron meus
pais os que me perderon a min. Non sei quen son por nacemento. Fun...
ben... fun encontrado.
LADY BRACKNELL: ¡ Encontrado!
JACK: O finado Mr. Thomas Cardew, un cabaleiro de carácter moi
caritativo e amable, atopoume, e púxome o nome de Worthing, xa
que naquel intre tiña un billete de primeira clase para Worthing.
Worthing é un lugar de Sussex. É un paraíso turístico.
LADY BRACKNELL: ¿Onde o encontrou ese cabaleiro de carácter
tan caritativo e amable que tiña un billete de primeira clase
para ese paraíso turístico?
JACK: (Severamente.) Nun bolso de man.
LADY BRACKNELL: ¿Nun bolso de man?
JACK: (Seriamente.) Si, lady Bracknell. Foi nun bolso de man,
relativamente grande, de pel negra e con dúas asas, en fin, un
bolso de man normal e corrente.
LADY BRACKNELL: ¿En que lugar atopou ese Mr. James ou Thomas
ese bolso de man corrente?
JACK: No gardarroupa de Victoria Station. Déronllo por confusión.
LADY BRACKNELL: ¿O gardarroupa de Victoria Station?
JACK: Si, a liña de Brighton.
LADY BRACKNELL: A liña non ten importancia. Mr. Worthing, débolle
confesar que me sinto algo abraiada polo que vostede me acaba de contar.
Nacer, ou ser criado nun bolso de man, teña asas ou non, paréceme
un desprezo da decencia da vida familiar, que lle recorda a un os peores
excesos da Revolución Francesa. E supoño que saberá
vostede a que levou ese desafortunado movemento. De feito, o lugar onde
foi atopado o saco de man, nun gardarroupa dunha estación de
ferrocarril, pode servir para ocultar unha indiscreción social
–probablemente fose usado para ese fin con anterioridade–
pero non pode ser considerado como unha base firme para acadar unha
posición de renome na alta sociedade.
JACK: ¿Podo preguntarlle que me aconsella facer? Non fai falta
que diga que faría calquera cousa neste mundo con tal de garanti-la
felicidade de Gwendolen.
LADY BRACKNELL: Aconsellaríalle, Mr. Worthing, que intentase
conseguir uns parentes tan axiña como lle fose posible, e que
fixese un esforzo por presentar en sociedade a un dos seus parentes,
de calquera sexo, antes do remate da estación.
JACK: Non sei como me vou apañar para faceres iso. Podo presentarlle
o saco de man en calquera momento. Téñoo nunha sala da
miña casa. En verdade creo que iso debería satisface-la,
lady Bracknell.
LADY BRACKNELL: ¿A min? ¡Que ten iso que ver comigo! Nin
imaxine que eu e mais lord Bracknell podemos soñar con permitir
que a nosa única filla –coidada con esmero e co maior dos
coidados– case cun gardarroupa e se xunte cun vulto de viaxe.
¡Bos días, Mr. Worthing! (Lady Bracknell retírase
cunha indignación maxestosa.)
JACK: Bos días. (Algernon, desde a outra estancia, toca a
marcha nupcial. Jack, moi furioso, vai cara á porta.) ¡Polo
amor de Deus, non toques esa marcha fúnebre, Algy! ¡Que
parvo es! (A música para e entra Algernon con cara de ledicia.)
ALGERNON: ¿Saíu todo ben, rapaz? ¿Non me dirás
que te rexeitou Gwendolen? Xa sei que acostuma facelo. Adoita rexeitar
á xente. Creo que é o seu maior defecto.
JACK: ¡Oh! Con Gwendolen todo vai ben. Polo que respecta a Gwendolen,
estamos prometidos. Pero súa nai é insoportable. Nunca
vin unha Gorgona coma ela, non sei que cousa é unha Gorgona,
pero estou seguro de que lady Bracknell é unha delas. De todos
xeitos, ela é un mostro, e non precisamente mitolóxico,
o cal no está moi ben que digamos... Perdoa, Algy, pero creo
que non debería falar deste xeito sobre a túa tía
ante ti.
ALGERNON: Querido amigo, encántame oír falar mal dos meus
parentes. É a única cousa que me permite soportalos. Os
parentes son sempre un feixe de xente aburrida, que non teñen
nin a máis mínima idea de cómo deben vivir, nin
a máis remota idea de cándo teñen que morrer.
JACK: ¡Oh, iso é unha parvada!
ALGERNON: Non o é.
JACK: Ben, non quero discutir sobre ese feito. Ti sempre queres discuti-las
cousas.
ALGERNON: Iso é para o que foron feitas as cousas nun principio.
JACK: Douche a miña palabra de que se eu pensase así,
mataríame... (Unha pausa.) ¿Non crerás
que existe algunha posibilidade de que Gwendolen se pareza á
súa nai dentro de cento cincuenta anos, verdade, Algy?
ALGERNON: Tódalas mulleres chegan a ser coma súa nai.
Esa é a súa traxedia. Ós homes non lles ocorre
iso, e esa é a súa.
JACK: ¿ É iso certo?
ALGERNON: É ben sabido. É tan certo coma calquera observación
que se pode facer da vida civilizada.
JACK: Estou farto de tanta intelixencia. Hoxe en día, todo o
mundo é intelixente. Non podes ir a ningures sen atopar con alguén
intelixente. O feito converteuse nun verdadeiro defecto público.
Prégolle a Deus que nos deixe aínda uns cantos parvos.
ALGERNON: Xa os temos.
JACK: Pois gustaríame atopalos. ¿ Sobre que falan?
ALGERNON: ¿Os parvos? Da xente intelixente, supoño.
JACK: ¡Que parvos!
ALGERNON: A propósito, ¿dixécheslle a Gwendolen
a verdade tocante a que te chamas Ernest na cidade e Jack no campo?
JACK: (Con aires de grandeza.) Querido amigo, a verdade non
é algo que se lle di a unha moza doce, agradable e refinada.
¡Que ideas tan extraordinarias tes ti sobre a forma de comportarte
coas mulleres!
ALGERNON: A única maneira de tratar a unha muller é facerlle
o amor se é bonita, e facerllo a outra, se é fea.
JACK: Iso son parvadas.
ALGERNON: ¿E que lle dixeches do teu irmán? ¿Do
desconsiderado Ernest?
JACK: ¡Oh! Antes de finais de semana xa me terei desfeito del.
Direille que morreu en París de apoplexía. Moita xente
morre de apoplexía de súpeto, ¿non?
ALGERNON: Si, pero é unha enfermidade hereditaria, querido amigo.
É algo de familia. Farías mellor en dicir que foi por
un forte arrefriado.
JACK: ¿Estás seguro de que o arrefriado non é hereditario,
nin nada diso?
ALGERNON: Por suposto que non.
JACK: Entón, ben. O meu pobre irmán Ernest morreu de súpeto
en París dun forte arrefriado. Iso líbrame del.
ALGERNON: Pero pensei que dixeras... ¿Miss Cardew non estaba
bastante interesada no teu pobre irmá Ernest? ¿Non sentirá
moito a súa perda?
JACK: Non, todo está ben. Cecily non é unha moza romántica
e parva, do cal me alegro. Ten un apetito inmenso, dá longos
paseos e non pon ningunha atención en ningunha das súas
leccións.
ALGERNON: Gustaríame moito coñecer a Cecily.
JACK: Terei coidado de que iso non ocorra. É moi bonita e só
ten dezaoito anos.
ALGERNON: ¡Oh! Un non debe comentar estas cousas coa xente. Seguramente
Cecily e Gwendolen cheguen a ser moi boas amigas. Apóstoche o
que queiras a que media hora despois de coñecérense, xa
se están chamando unha a outra irmá.
ALGERNON: As mulleres só fan iso cando antes xa se chamaron outras
cousas. Agora, querido amigo, se queres conseguir unha boa mesa en Willis,
debemos compoñernos e ir. ¿Sabes que xa case son as sete?
JACK: (En ton irritado.) ¡Oh! Sempre son preto das sete.
ALGERNON: Ben, eu teño fame.
JACK: Nunca che escoitei dicir que non a tiveses.
ALGERNON: ¿Que faremos despois de cear? ¿ Ir ó
teatro?
JACK: ¡Oh, non! Detesto escoitar.
ALGERNON: Ben, podemos ir ó club?
JACK: ¡Oh, non! Odio falar.
ALGERNON: Ben, podemos ir dar unha volta polo Empire a iso das dez.
JACK: ¡Oh, non! Non soporto ver demasiadas cousas. É por
de máis estúpido.
ALGERNON: Ben, entón ¿ que faremos?
JACK: Nada.
ALGERNON: É extremadamente duro non facer nada. Sen embargo,
non me importa traballar duro se non hai unha finalidade determinada.
( Entra Lane.)
LANE: Miss Fairfax. ( Entra Gwendolen, sae Lane. )
ALGERNON: Vaia, Gwendolen.
GWENDOLEN: Algy, por favor, dá a volta. Teño algo moi
particular que dicirlle a Mr. Worthing.
ALGERNON: Realmente, Gwendolen, non creo que poida permitir todo isto.
GWENDOLEN: Algy, ti sempre adoptas unha actitude perfectamente inmoral
fronte á vida. Non es vello abondo para facer iso. (Algernon
retírase cara á cheminea.)
JACK: ¡Querida!
GWENDOLEN: Ernest, é probable que nunca casemos. Pola expresión
na cara de mamá temo que é iso o que ocorrerá.
Poucos pais teñen hoxe en día en conta o que lles din
os seus fillos. O antigo respecto polos mozos está caendo en
desuso. Se tiven algunha influencia sobre mamá, debina perder
cando tiña tres anos. Pero aínda que ela poida impedir
que sexamos home e muller, e aínda que case con outro, ou moitas
veces, nada do que ela poida facer vai altera-la miña tenra devoción
por vostede.
JACK: ¡Miña Gwendolen!
GWENDOLEN: A historia da súa romántica orixe, tal como
ma relatou mamá, con comentarios desagradables, tocou naturalmente
as fibras máis profundas do meu ser. A simplicidade do seu carácter
fai que vostede sexa exquisitamente incomprensible para min. Teño
a súa dirección da cidade en Albany. ¿ Cal é
a súa dirección no campo?
JACK: The Manor House, Woolton, Hertfordshire.
(Algernon, que escoitou coidadosamente, ri e escribe a dirección
no puño da camisa. Despois colle a guía de ferrocarrís.)
GWENDOLEN: ¿Haberá un bo servicio postal, supoño?
Pode ser preciso para facer algo desesperado. E iso por suposto necesitaría
dunha seria consideración. Estarei en contacto con vostede a
diario.
JACK: ¡Meu amor!
GWENDOLEN: ¿Canto tempo vai estar na cidade?
JACK: Ata o luns.
GWENDOLEN: ¡Ben! Algy, xa podes da-la volta.
ALGERNON: Gracias, xa me volvera.
GWENDOLEN: Tamén podes toca-lo timbre.
JACK: ¿Permíteme, querida, que a acompañe ata a
carruaxe?
GWENDOLEN: Por suposto.
JACK: (A Lane, que agora entra.) Eu acompañarei a miss
Fairfax.
LANE: Si, señor. (Jack e Gwendolen saen.)
(Lane móstralle unhas cartas a Algernon nunha bandexa. É
evidente que son facturas, porque Algernon, despois de mira-los sobres,
ráchaos.)
ALGERNON: Un vaso de xerez, Lane.
LANE: Si, señor.
ALGERNON: Mañá, Lane, vou bunburyzar.
LANE: Si, señor.
ALGERNON: Probablemente non estea de volta ata o luns. Prepáreme
a miña roupa, o meu smóking, e tódolos traxes de
Bunbury...
LANE: Si, señor. (Serve o xerez.)
ALGERNON: Espero que mañá faga un bo día, Lane.
LANE: Nunca ocorre iso, señor.
ALGERNON: Lane, é vostede un perfecto pesimista.
LANE: Fago todo o que podo para agradar, señor. (Entra Jack,
Lane sae.)
JACK: ¡É unha moza do máis sensible e intelixente!
A única moza que me gustou na miña vida.
(Algernon ri con forza.) ¿Por que diaños te divirtes
tanto?
ALGERNON: Estou preocupado polo pobre Bunbury, iso é todo.
JACK: Se non tes coidado, o teu amigo Bunbury darache un desgusto algún
día destes.
ALGERNON: Encántanme os desgustos. Son as únicas cousas
que nunca son serias.
JACK: ¡Oh, iso son parvadas! Non dis mais que parvadas.
ALGERNON: Todos o fan sempre.
(Jack mírao indignado, e abandona a estancia. Algernon prende
un cigarro, le o puño da camisa e ri.)
- PANO-
Acto Segundo
Escena: no xardín da Manor House. Unha escaleira de pedra
gris leva á casa. Un xardín antigo cheo de rosas. Época
do ano: Xullo. Cadeiras de vimbio e unha mesa cuberta con libros, debaixo
dun teixo.
(Miss Prism está sentada xunta a mesa. Cecily está
detrás, regando as flores.)
MISS PRISM: (Chamando.) ¡Cecily, Cecily! Supoño
que unha ocupación tan utilitaria como a de rega-las flores é
máis ben unha obriga de Moulton ca súa, ¿non? Sobre
todo, no momento en que os praceres intelectuais agardan por vostede.
A súa gramática de alemán está enriba da
mesa. Prégolle que a abra na páxina quince. Repetirémo-la
lección de onte.
CECILY: (Aproximándose paseniñamente.) Pero a
min non me gusta o alemán. É un idioma que non me senta
nada ben. Sei perfectamente que estou moi fea despois de miña
lección de alemán.
MISS PRISM: Mociña, vostede sabe o preocupado que está
o seu titor para que vostede mellore en tódolos aspectos. Cando
onte se marchou para a cidade, puxo especial énfase no seu alemán.
De feito, el sempre pon énfase no seu alemán cando se
vai para a cidade.
CECILY: ¡Tío Jack é tan serio! Ás veces é
tan serio que creo que non está moi ben de todo.
MISS PRISM: (Con seriedade.) O seu titor goza dunha saúde
excelente, e a gravidade da súa conducta é encomiable
nunha persoa tan nova coma el. Non sei de ninguén cun sentido
do deber e da responsabilidade tan elevado.
CECILY: Supoño que é por iso polo que semella un pouco
aburrido cando estámo-los tres xuntos.
MISS PRISM: Cecily, estou abraiada. Mr. Worthing ten moitos problemas
na súa vida. A alegría innecesaria e a trivialidade non
teñen cabida na súa conversa. Debe recorda-la súa
constante preocupación polo seu pobre e desafortunado irmanciño.
CECILY: Gustaría de que tío Jack lle permitise a ese desafortunado
mozo, seu irmán, que nos viñese visitar de vez en cando.
Poderiamos exercer unha boa influencia nel, miss Prism. Estou segura
de que vostede habíao conseguir. Sabe alemán, xeoloxía,
e toda esa clase de cousas que tanta influencia teñen sobre un
home.(Cecily comeza a escribir no seu diario.)
MISS PRISM: (Movendo a cabeza.) Non creo que algunha vez puidese
eu producir algún efecto sobre un carácter, que segundo
as palabras do seu propio irmán, é irremediablemente débil
e vacilante. De feito, non estou segura de que eu desexase reformalo.
Non estou a favor desa teima moderna de converte-la xente mala en boa
nun intre. Cada un recolle o que sementa. Debe deixa-lo seu diario,
Cecily. Non entendo por qué ten vostede que levar un diario.
CECILY: Levo un diario para rexistra-los marabillosos segredos da miña
existencia. Se non os anotase, probablemente os esquecería.
MISS PRISM: A memoria, querida Cecily, é o diario que todos levamos
connosco.
CECILY: Si, pero a miúdo recolle cousas que nunca ocorreron,
e que probablemente nunca ocorrerán. Creo que a Memoria é
a responsable dos tres volumes de novela que Mudie nos envía.
MISS PRISM: Non fale tan despectivamente das novelas en tres volumes,
Cecily. Eu escribín unha nos meus anos mozos.
CECILY: ¿De verdade, miss Prism? ¡Que marabillosamente
intelixente é vostede! ¿Supoño que non acabarían
ben? Non me gustan as novelas que acaban ben. Deprímenme.
MISS PRISM: Os bos rematan ben e os malos rematan mal. Diso trata a
Ficción.
CECILY: Supoño que si. Pero paréceme inxusto. ¿Chegou
a publicarse a súa novela?
MISS PRISM: ¡Oh! Non. O manuscrito, desafortunadamente, foi abandonado.
(Cecily míraa abraiada.) Emprego a palabra no sentido de
perdido ou extraviado. Para o seu traballo, mociña, estas especulacións
son innecesarias.
CECILY: (Sorrindo.) Pero... vexo o Dr. Chasuble aproximarse
polo xardín.
MISS PRISM: (Levantándose e aproximándose cara a el.)
Dr. Chasuble, é un pracer. (Entra o cóengo Chasuble.)
CHASUBLE: ¿Como están esta mañá? Miss Prism,
supoño que se atopa vostede ben, ¿verdade?
CECILY: Miss Prism estábase queixando hai un pouco dunha lixeira
dor de cabeza. Creo, Dr. Chasuble, que sería moi boa idea que
fose con vostede dar un pequeno paseo polo parque.
MISS PRISM: Cecily, eu non dixen nada sobre unha dor de cabeza.
CECILY: Non, querida miss Prism, pero sinto instintivamente que vostede
tiña unha dor de cabeza. De feito, estaba pensando niso, e non
sobre a miña lección de alemán, cando chegou o
Rector.
CHASUBLE: Espero, Cecily, que non sexa vostede distraída.
CECILY: Temo que si o son.
CHASUBLE: Iso é estraño. Se eu tivese a fortuna de se-lo
pupilo de miss Prism, estaría pendente dos seus beizos. (Miss
Prism mírao con abraio.) Falo metaforicamente. A miña
metáfora está sacada das abellas. ¡ Egem! Supoño
que Mr. Worthing aínda non volveu da cidade, ¿non si?
MISS PRISM: Non o esperamos ata o luns pola tarde.
CHASUBLE: ¡Ah! Si, el adoita pasa-lo domingo en Londres. El non
é un deses que ten como único obxectivo pasalo ben, como
parece que fai o seu desafortunado irmanciño. Pero non vou molestar
máis a Exeria e a súa discípula.
MISS PRISM: ¿Exeria? O meu nome é Leticia, doutor.
CHASUBLE: (Facendo unha reverencia.) Unha alusión clásica
simplemente, extraída dos autores pagáns. Supoño
que estarán sen falta no oficio de vésperas, ¿non?
MISS PRISM: Creo, doutor, que irei dar un paseo con vostede. Despois
de todo, paréceme que teño dor de cabeza, e un paseo virame
ben.
CHASUBLE: Con moito pracer, miss Prism, con moito pracer. Podemos ir
ata as escolas e despois volver.
MISS PRISM: Iso sería estupendo. Cecily, vostede lea a súa
política económica mentres eu me ausento. Pode omiti-lo
capítulo sobre o descenso da rupia. É algo demasiado sensacional.
Ata os problemas de diñeiro teñen o seu lado melodramático.
(Sae polo xardín co Dr. Chasuble.)
CECILY: (Colle os seus libros e tíraos na mesa.) ¡Ó
diaño a horrible política económica, a horrible
xeografía, e o horrible, horrible alemán! (Entra Merriman
cunha tarxeta nunha bandexa.)
MERRIMAN: Mr. Ernest Worthing acaba de chegar da estación. Trae
a súa equipaxe.
CECILY: (Colle a tarxeta e lea.) “Mr. Ernest Worthing,
B. 4, Albany, W” ¡O irmán de tío Jack! ¿Díxolle
vostede que Mr. Worthing estaba na cidade?
MERRIMAN: Si, miss. Parecía moi desgustado. Díxenlle que
vostede e mais miss Prism estaban no xardín. El dixo que estaba
desexoso de falar con vostede un momento a soas.
CECILY: Dígalle a Mr. Worthing que veña aquí. Supoño
que será mellor falar coa ama de chaves para que dispoña
un cuarto para el.
MERRIMAN: Si, miss. (Merriman sae.)
CECILY: Nunca antes me atopei cunha persoa realmente mala. Estou bastante
asustada. Temo que será coma os demais. (Entra Algernon,
moi ledo e airoso.) ¡Aí vén!
ALGERNON: (Sacando o sombreiro.) Estou seguro de que vostede
é a miña pequena curmá Cecily.
CECILY: Paréceme que está vostede nun erro. Non son pequena.
De feito, creo que son bastante alta para a miña idade. (Algernon
míraa un pouco abraiado.) Pero son a súa curmá
Cecily. Vin, pola súa tarxeta, que vostede é o irmán
de tío Jack, o meu curmán Ernest, o meu malvado curmán
Ernest.
ALGERNON: ¡Oh! Non, non son realmente malo, curmá Cecily.
Non debe pensar que son malvado.
CECILY: Se non o é, entón vostede estívonos enganando
a todos nós dunha maneira inescusable. Espero que non levase
vostede unha dobre vida, finxindo ser malo e sendo bo o resto do tempo.
Iso sería hipocrisía.
ALGERNON: (Mirándoa abraiado.) ¡Oh! De feito,
fun un pouco irresponsable.
CECILY: Alégrame oílo.
ALGERNON: De feito, agora que menciona o feito, a verdade é que
fun bastante malo.
CECILY: Non creo que deba estar orgulloso diso, aínda que estou
segura de que debeu ser moi agradable.
ALGERNON: É moito máis agradable estar aquí con
vostede.
CECILY: ¡Non podo comprender como está aquí! Tío
Jack non estará de volta ata o luns pola tarde.
ALGERNON: Iso é unha pena moi grande. Estou obrigado a marcha-lo
luns pola mañá no primeiro tren. Teño unha cita
de negocios á que estou desexando... faltar.
CECILY: ¿E non podería faltar noutro sitio que non fose
en Londres?
ALGERNON: Non, o asunto é en Londres.
CECILY: Ben, de acordo, xa sei o importante que é non ir a un
asunto de negocios se un quere mante-lo sentido da beleza da vida, pero
creo que faría mellor se espera a que chegue tío Jack.
Sei que el quere falarlle sobre a súa emigración.
ALGERNON: ¿Sobre que?
CECILY: A súa emigración. Foille a comprar todo o necesario.
ALGERNON: Non permitiría que Jack me comprase nada. Non ten gusto
ningún para as gravatas.
CECILY: Non creo que precise gravatas. Tío Jack vaino enviar
a Australia.
ALGERNON: ¿A Australia? ¡ Antes morto!
CECILY: Ben, dixo na cea o mércores pola noite, que vostede debería
escoller entre este mundo, o outro mundo ou Australia.
ALGERNON: ¡Oh! Ben, as noticias que recibín de Australia
e do outro mundo non son particularmente alentadoras. Este mundo é
bastante bo para min, curmá Cecily.
CECILY: Si, pero ¿é vostede o suficientemente bo para
el?
ALGERNON: Temo que non. Iso é polo que quero que vostede me reforme.
Esa pode se-la súa misión, se non lle importa, curmá
Cecily.
CECILY: Temo que non teño tempo esta tarde.
ALGERNON: Ben, ¿importaríalle se me reformarse a min mesmo
esta tarde?
CECILY: Iso sería un pouco quixotesco pola súa parte.
Pero creo que debería intentalo.
ALGERNON: Fareino. Xa me sinto mellor.
CECILY: Parece que está vostede peor.
ALGERNON: Iso é porque teño fame.
CECILY: ¡Que desconsiderada! Deberíame lembrar de que cando
un comeza unha nova vida, debe tomar comidas abundantes e regulares.
¿Quere entrar?
ALGERNON: Gracias. ¿Podo coller primeiro unha flor para o ollal?
Nunca teño apetito se non levo unha flor no ollal.
CECILY: ¿Unha Marechal Niel?
ALGERNON: Non, prefiro unha rosa.
CECILY: ¿Por que? (Corta unha flor.)
ALGERNON: Porque vostede é coma unha rosa, curmá Cecily.
CECILY: Creo que non está ben que vostede me fale dese xeito.
Miss Prism nunca me di esas cousas.
ALGERNON: Entón miss Prism é unha vella curta de vista.
(Cecily ponlle a rosa no ollal.) É vostede a muller
máis fermosa que vin nunca.
CECILY: Miss Prism di que a beleza física é unha trampa.
ALGERNON: Pois é unha trampa na que a todo home sensato lle gustaría
sentirse atrapado.
CECILY: ¡Oh! Pois a min non me gustaría atrapar un home
sensato. Non sabería de qué falar con el.
(Entran na casa. Miss Prism e o Dr. Chasuble volven.)
MISS PRISM: Está moi só vostede, querido Dr. Chasuble.
Debería casar. Podo entender que un sexa misántropo, pero
mullerántropo, ¡xamais!
CHASUBLE: (Cun estremecemento escolar.) Créame, non
comunga comigo una frase tan neoloxística. O precepto así
como a práctica da igrexa primitiva estaban claramente en contra
do matrimonio.
MISS PRISM: (Sentenciosamente.) Esa é a razón
pola que a igrexa primitiva non durou ata os nosos días. E non
parece que se dea conta, querido doutor, de que permanecendo constantemente
solteiro, un home convértese nunha tentación pública
permanente. Os homes deberían ter coidado; o celibato leva os
caracteres máis débiles polo mal camiño.
CHASUBLE: ¿Pero un home non é igualmente atractivo cando
está casado?
MISS PRISM: Ningún home casado é atractivo, excepto para
a súa muller.
CHASUBLE: E, a miúdo, segundo me dixeron, nin sequera para ela.
MISS PRISM: Iso depende das simpatías intelectuais da muller.
A madurez sempre depende diso. Un pódese fiar da madurez. As
mulleres novas están verdes. (O Dr. Chasuble estremécese.)
Falo de horticultura. A miña metáfora está sacada
das froitas. Pero, ¿onde está Cecily?
CHASUBLE: Probablemente nos seguiu ata a escola.
(Entra Jack , paseniñamente, dende o fondo do xardín.
Está vestido de loito, cunha banda negra no sombreiro e luvas
negras.)
MISS PRISM: ¡Mr. Worthing!
CHASUBLE: ¿ Mr. Worthing?
MISS PRISM: Isto si que é unha sorpresa. Non o esperabamos ata
o luns pola tarde.
JACK: (Dálle a man a miss Prism dunha maneira tráxica.)
Regresei máis axiña do que esperaba. Dr. Chasuble, supoño
que estará vostede ben.
CHASUBLE: Querido Mr. Worthing, espero que esa vestimenta de loito que
leva non sexa reflexo de unha terrible desgracia.
JACK: O meu irmán.
MISS PRISM: ¿Máis débedas vergoñentas e
máis extravagancias?
CHASUBLE: ¿Continúa levando esa vida de pracer?
JACK: (Movendo a cabeza.) ¡Morto!
CHASUBLE: O seu irmán Ernest, ¿morto?
JACK: Completamente morto.
MISS PRISM: ¡Que lección máis beneficiosa para el!
Espero que saiba aproveita-la.
CHASUBLE: Mr. Worthing, doulle o meu máis sincero pésame.
Polo menos quédalle o consolo a vostede de saber que sempre foi
o máis xeneroso e caritativo dos irmáns.
JACK: ¡Pobre Ernest! Tiña moitos defectos, pero é
un golpe triste, moi triste.
CHASUBLE: Moi triste, de feito. ¿Estivo vostede con el nos seus
momentos derradeiros?
JACK: Non, el morreu no estranxeiro. En París, concretamente.
Recibín onte un telegrama do xerente do Grand Hotel.
CHASUBLE: ¿Mencionaba a causa da morte?
JACK: Parece ser que un forte arrefriado.
MISS PRISM: Cada un recolle o que sementa.
CHASUBLE: (Levantando a man.) ¡Caridade, miss Prism,
caridade! Ninguén é perfecto. Eu son peculiarmente susceptible
ó xogo de damas. ¿Terá lugar aquí o enterro?
JACK: Non, parece ser que el expresou o seu desexo de ser enterrado
en París.
CHASUBLE: ¡En París! (Movendo a cabeza.) Temo
que iso demostra que non tivo un carácter serio nin nos últimos
momentos. Supoño que desexará vostede que faga unha lixeira
alusión a este tráxico suceso doméstico o domingo
que vén. (Jack dálle a man convulsivamente.)
O meu sermón sobre o significado do maná no deserto pode
ser adaptado para calquera ocasión, alegre, ou coma neste caso,
triste. (Todos xemen.) Prediqueino nas celebracións
da colleita, nos bautizos, nas confirmacións, nos días
de penitencia e nos de gozo. A última vez díxeno na Catedral,
como sermón de caridade a beneficio da Sociedade pola Prevención
do Descontento entre as Clases Altas. Ó bispo, que estaba presente,
impresionárono algunhas das miñas comparacións.
JACK: ¡Ah! Iso recórdame, ¿vostede, Dr. Chasuble,
mencionou os bautizos, verdade? ¿Supoño que vostede sabe
cómo bautizar perfectamente. (O Dr. Chasuble mira abraiado.)
De feito, quero dicir, que vostede está continuamente bautizando,
¿non si?
MISS PRISM: Sinto dicirche, que ese é un dos grandes deberes
do rector nesta parroquia. Falei a miúdo coas clases máis
baixas deste asunto, pero parecen non saber qué é o aforro.
CHASUBLE: ¿Pero hai algún neno en particular no cal vostede
estea interesado? O seu irmán, segundo teño entendido,
non estaba casado ¿ non é así?
JACK: ¡Oh! Si.
MISS PRISM: (Con amargura.) A xente que só vive para
o pracer non adoita casar.
JACK: Pero... non é para ningún rapaz, querido Doutor.
Gústanme moito os nenos. ¡Non! O feito é que me
gustaría bautizarme esta tarde, se é que vostede non ten
nada mellor que facer.
CHASUBLE: Pero, seguramente, Mr. Worthing, vostede xa foi bautizado.
JACK: Non lembro nada diso.
CHASUBLE: Pero... ¿ten vostede algunha dúbida grave sobre
o asunto?
JACK: Creo que si. De feito non sei se isto o molestará, ou se
cre que son un pouco vello agora para isto.
CHASUBLE: Claro que non. A aspersión, e sobre todo, o mergullo
de adultos é unha práctica perfectamente canónica.
JACK: ¡Mergullo!
CHASUBLE: Non sexa aprehensivo. A aspersión é o necesario,
ou en todo caso, o aconsellable. O noso tempo é tan variable.
¿A que hora lle gustaría que se celebrase a cerimonia?
JACK: ¡Oh! A iso das cinco, se lle vai ben.
CHASUBLE: ¡Perfectamente, perfectamente! De feito, teño
dúas cerimonias similares nese momento. Dous xemelgos que naceron
hai pouco nunha das casas máis afastadas desta casa. Son do pobre
Jenkins, o carteiro, un home moi traballador.
JACK: ¡Oh! Non atopo nada divertido en ser bautizado xunto con
outros bebés. Encóntroo infantil. ¿Ás cinco
e media?
CHASUBLE: ¡Admirable, admirable! (Saca o seu reloxo.) E agora,
querido Mr. Worthing, non molestarei por máis tempo nesta casa
de tristeza. Pregaríalle que non se deixe derrubar pola dor.
O que nos parecen tragos amargos moitas veces non son máis que
bendicións disfrazadas.
MISS PRISM: Isto paréceme unha bendición evidente. (Entra
Cecily desde a casa.)
CECILY: ¡Tío Jack! ¡Oh! Alégrame verte de
volta. Pero que vestimenta máis horrible levas. Vai e cámbiate.
MISS PRISM: ¡Cecily!
CHASUBLE: ¡Ai, mociña, mociña! (Cecily vai cara
a Jack; bícaa na fronte dunha maneira melancólica.)
CECILY: ¿Que ocorre, tío Jack? ¡Ponte alegre! Parece
como se tiveses dor de moas, e eu teño unha sorpresa para ti.
¿Quen cres que está no comedor? ¡Teu irmán!
JACK: ¿Quen?
CECILY: Teu irmá Ernest. Chegou hai media hora.
JACK: ¡Que parvada! Xa non teño irmán.
CECILY: ¡Oh! Non digas iso. Por moi mal que el se portase contigo
no pasado segue sendo o teu irmán. Non podes ser tan desapiadado
como para renegar del. Direille que pase. E daraslle a man, ¿verdade,
tío Jack?
CHASUBLE: Estas si que son noticias alegres.
MISS PRISM: Despois de que xa todos nos resignaramos a súa perda,
o seu inesperado retorno parece algo peculiarmente calamitoso.
JACK: ¿O meu irmá no comedor? Non sei que é todo
isto. Creo que é absurdo. (Entran Algernon e Cecily collidos
da man. Diríxense paseniñamente a Jack.)
JACK: ¡Santo ceo! (Faille un xesto a Algernon para que se
vaia.)
ALGERNON: Jonh, irmán, vin expresamente da cidade para pedirche
perdón por tódolos desgustos que che dei e dicirche que
teño intención de levar unha vida mellor no futuro.
(Jack mírao furioso e non lle dá a man.)
CECILY: ¡Tío Jack! ¿Non irás rexeitar a man
do teu propio irmán?
JACK: Nada me moverá a darlle a man. Creo que a súa visita
aquí é vergoñenta. El sabe moi ben por qué.
CECILY: ¡Tío Jack! Sé amable. Todo o mundo ten algo
bo. Ernest estívome contando algo acerca do seu pobre inválido
amigo Mr. Bunbury, a quen vai visitar a miúdo. E de feito debe
haber algo moi bo en alguén que é amable cun inválido
e que deixa os praceres de Londres para estar xunta un leito de dor.
JACK: ¡Ah! ¿Estívoche falando de Bunbury, verdade?
CECILY: Si, estívome falando sobre o seu pobre amigo Bunbury,
e sobre o seu delicado estado de saúde.
JACK: ¡Bunbury! Ben, non quero volver escoita-lo falar de Bunbury
nin de calquera outra cousa. Isto xa é bastante para poñer
a un fóra dos seus eixes.
ALGERNON: Ben, admito que a culpa é toda miña. Pero debo
dicir que a frialdade do irmán Jonh éme francamente dolorosa.
Esperaba un recibimento máis entusiasta, tendo en conta que é
a primeira vez que estou aquí.
CECILY: ¡Tío Jack, se non lle das a man a Ernest nunca
cho perdoarei!
JACK: ¿Nunca mo perdoarás?
CECILY: ¡Nunca, nunca, nunca!
JACK: Ben, esta é a última vez que o fago. (Dálle
a man a Algernon e óllao desafiante.)
CHASUBLE: É marabilloso, ¿non é?, ver unha reconciliación
tan perfecta. Creo que deberiamos deixa-los dous irmáns xuntos.
MISS PRISM: Cecily, veña connosco.
CECILY: Por suposto, miss Prism. A miña pequena tarefa de reconciliación
xa rematou.
CHASUBLE: Hoxe, mociña, fixo vostede unha acción moi bonita.
MISS PRISM: Non debemos facer xuízos prematuros.
CECILY: Síntome moi feliz. (Saen todos agás Jack e
Algernon.)
JACK: Algy, falsario, debes marchar de aquí tan axiña
como sexa posible. Non permito bunburyzar aquí.
(Entra Merriman.)
MERRIMAN: Puxen as cousas de Mr. Ernest no cuarto que está xunto
ó seu. ¿Está ben así?
JACK: ¿Que?
MERRIMAN: A equipaxe de Mr. Ernest, señor. Desfíxena e
púxena no cuarto que está xunto o seu.
JACK: ¿A súa equipaxe?
MERRIMAN: Si, señor. Tres maletas, un maletín, dúas
caixas de sombreiros e unha cesta grande.
ALGERNON: Temo que non poderei estar máis dunha semana desta
vez.
JACK: Merriman, dígalles que preparen a carruaxe inmediatamente.
Mr. Ernest foi avisado de súpeto para que volva á cidade.
MERRIMAN: Si, señor (Entra na casa.)
ALGERNON: ¡Que mentireiro es, Jack! Ninguén me avisou para
volver á cidade.
JACK: Si, tes que volver.
ALGERNON: Que eu saiba, ninguén me avisou.
JACK: É o teu deber de cabaleiro o que te reclama.
ALGERNON: O meu deber como cabaleiro nunca se interpuxo de ningunha
maneira entre os meus praceres e mais eu.
JACK: Compréndoo moi ben.
ALGERNON: Ben, Cecily é encantadora.
JACK: Non fales desa maneira sobre miss Cardew. Non me gusta.
ALGERNON: Ben, a min no me gusta a túa roupa. Estás ridículo
con ela. ¿Por que diaños non vas e te cambias? É
completamente infantil estar de loito por un home que de feito vai estar
contigo durante toda a semana na túa casa como invitado. Paréceme
grotesco.
JACK: Ti non estarás comigo durante unha semana como invitado
nin como nada. Tes que marchar... no tren das catro e cinco.
ALGERNON: Non marcharei mentres ti esteas de loito. Sería unha
falta de amizade moi grande. Se eu estivese de loito, supoño
que ti estarías comigo. Sería unha desconsideración
se non o fixese.
JACK: Ben, ¿marcharás se cambio de roupa?
ALGERNON: Si, se non tardas moito. Nunca vin a ninguén que lle
levase tanto tempo vestirse, e con tan pésimos resultados.
JACK: Daquela, é mellor que estar sempre demasiado amañado
coma ti.
ALGERNON: Se ás veces estou demasiado amañado, compénsoo
sendo sempre inmensamente demasiado educado.
JACK: A túa vaidade é ridícula, a túa conducta
un atrevemento, e a túa presencia no meu xardín totalmente
absurda. Emporiso, tes que colle-lo tren das catro e cinco, e espero
que teñas unha feliz viaxe de volta. Este bunburysmo, como ti
lle chamas, non foi un grande éxito. (Entra na casa.)
ALGERNON: Eu creo que foi un grande éxito. Estou namorado de
Cecily, e iso é todo. (Entra Cecily polo xardín. Colle
a regadeira e comeza a rega-las flores.) Pero... debo ve-la antes
de partir, e arranxalo todo para outro bunburysmo. ¡Ah! Aí
está.
CECILY: ¡Oh! Simplemente vin rega-las flores. Pensei que estaba
con tío Jack.
ALGERNON: El foi pedir que preparen unha carruaxe para min.
CECILY: ¡Oh! ¿Vaino levar a dar un bonito paseo?
ALGERNON: Vaime enviar de volta.
CECILY: Entón... ¿temos que separarnos?
ALGERNON: Temo que si. É unha despedida moi desagradable.
CECILY: Sempre é doloroso ver marcha-la xente cando un a coñeceu
hai pouco tempo. A ausencia dos vellos amigos pódese soportar
con serenidade. Pero separarse de alguén, aínda que sexa
momentaneamente, cando acaba de serlle presentado a un é case
intolerable.
ALGERNON: Gracias. (Entra Merriman.)
MERRIMAN: A carruaxe está na porta, señor. (Algernon mira
suplicante a Cecily.)
CECILY: Pode esperar, Merriman... durante... cinco minutos.
MERRIMAN: Si, miss. (Sae Merriman.)
ALGERNON: Espero, Cecily, non ofendela se lle digo francamente e abertamente
que vostede seméllame en tódolos sentidos a personificación
visible da perfección absoluta.
CECILY: Creo que a súa franqueza outórgalle un grande
creto, Ernest. Se mo permite, apuntarei as súas observacións
no meu diario. (Vai cara á mesa e comeza a escribir no diario.)
CECILY: ¿Leva vostede un diario? Daría calquera cousa
por botarlle unha ollada. ¿Podo?
CECILY: ¡Oh non! (Pon a súa man sobre el.) É
simplemente unha relación dos propios pensamentos e impresións
dunha moza moi nova, e que está feito para ser publicado. Cando
se publique un volume, espero entregarlle unha copia. Pero prégolle,
Ernest, que non pare. Encántame escribir ó dictado. Cheguei
ata a absoluta perfección. Pode continuar. Estou lista para máis.
ALGERNON: (Algo retraído.) ¡Egem, egem!
CECILY: ¡Oh, non tusa, Ernest! Cando un está dictando debe
falar con fluidez e sen tusir. Ademais, non sei cómo se escribe
a tose. (Escribe mentres Algernon fala.)
ALGERNON: (Falando moi rápido.) Cecily, desde a primeira
vez que vin a súa marabillosa e incomparable beleza, decidín
ousar amala salvaxemente, apaixonadamente, devotamente, desesperadamente.
CECILY: Non creo que deba vostede dicir que me ama salvaxemente, apaixonadamente,
devotamente, desesperadamente. Desafortunadamente non parece ter moito
sentido, ¿verdade?
ALGERNON: Cecily. (Entra Merriman.)
MERRIMAN: A carruaxe está esperando, señor.
ALGERNON: Dígalle que veña a próxima semana á
mesma hora.
MERRIMAN: (Mira a Cecily, que non lle fai ningún aceno.)
Si, señor. ( Merriman retírase.)
CECILY: Tío Jack enfadarase moito de saber que vai ficar ata
a semana que vén á mesma hora.
ALGERNON: ¡Oh! Non se preocupe de Jack. Eu no me preocupo de ninguén
no mundo enteiro agás de vostede. Eu quéroa. ¿Quere
vostede casar comigo?
CECILY: ¡Que parvo! Claro que si. Estamos prometidos dende hai
tres meses.
ALGERNON: ¿Dende hai tres meses?
CECILY: Si, fará exactamente tres meses o xoves.
ALGERNON: Pero... ¿como nos comprometemos?
CECILY: Ben, desde a primeira vez que tío Jack nos confesou que
tiña un irmán máis novo que era moi malo, vostede,
por suposto, converteuse no principal tema de conversa entre miss Prism
e miss eu. E por suposto un home sobre o que se fala moito sempre resulta
atractivo. Despois de todo, unha sente que debe haber algo especial
nel. Foi unha loucura pola miña parte, pero eu namoreime de vostede.
ALGERNON: Querida, e ¿cando tivo realmente lugar a pedida de
man?
CECILY: O catorce de febreiro pasado. Cansada de que vostede ignorase
por completo a miña existencia, decidín remata-lo asunto
dunha maneira ou doutra, e despois dunha longa loita comigo mesma deille
o si debaixo desta vella árbore que está aquí.
Ó día seguinte merquei esta pequena sortella co seu nome,
e esta é a pequena pulseira co verdadeiro lazo de amor que lle
prometín levar sempre.
ALGERNON: ¿Deille eu isto? ¿É bonito, verdade?
CECILY: Si, ten vostede un gusto marabillosamente exquisito, Ernest.
Esa é a escusa que eu sempre lle dei á súa mala
vida. E esa é a caixa onde conservo tódalas súas
amadas cartas. (Ponse de xeonllos xunto da a mesa, abre a caixa
e saca as cartas atadas cunha cinta azul.)
ALGERNON: ¿As miñas cartas? Pero, querida Cecily, eu nunca
lle escribín ningunha carta.
CECILY: Non necesita recordarme iso, Ernest. Lembro demasiado ben que
me sentín obrigada a escribi-las cartas por vostede. Escribía
sempre tres á semana, por veces incluso máis a miúdo.
ALGERNON: ¡Oh! ¿Déixamas ler, Cecily?
CECILY: ¡Oh! Non é posible. Farían que vostede se
sentise fachendoso (Garda a caixa.) As tres que me escribiu vostede
despois de que eu rompese o noso compromiso son tan bonitas, e están
tan mal ortograficamente, que incluso agora non podo lelas sen que me
caia unha bágoa.
ALGERNON: ¿Pero rompémo-lo noso compromiso?
CECILY: Por suposto. O vintedous do pasado marzo. Pode ve-la anotación
se quere. (Móstralle o diario.) “Hoxe rompín o meu
compromiso con Ernest. Creo que é mellor así. O tempo
continúa sendo encantador”.
ALGERNON: ¿Pero por que diaños rompeu vostede o compromiso?
¿Que fixen? De feito, non fixen nada. Cecily, estou moi doído
ó escoitar que vostede rompeu o compromiso. Sobre todo cando
o tempo era tan encantador.
ALGERNON: (Acercándose a ela e poñéndose de
xeonllos.) ¡Que anxo máis perfecto é vostede,
Cecily!
CECILY: E vostede un home moi romántico. (El bícaa,
ela pon os dedos nos seus cabelos.) Espero que o seus rizos sexan
naturais, ¿non é?
ALGERNON: Si, meu ceo, cun pouco de axuda.
CECILY: Alégrome.
ALGERNON: ¿Non volverá vostede rompe-lo noso compromiso,
verdade, Cecily?
CECILY: Non creo que poida rompelo de novo agora que o coñezo.
Ademais, está, por suposto, o asunto do seu nome.
ALGERNON: Si, por suposto. (Con nerviosismo.)
CECILY: Non se debe rir de min, querido, pero o meu soño de moza
sempre foi namorarme de alguén de nome Ernest. (Algernon
ri, Cecily tamén.) Hai algo nese nome que me inspira absoluta
confianza. Compadezo a pobre muller casada que teña un home que
non se chame Ernest.
ALGERNON: Pero... amada mociña, ¿quéresme dicir
con iso que non me amarías se eu tivese outro nome?
CECILY: Pero... ¿que nome?
ALGERNON: ¡Oh! Calquera nome que ti queiras. Algernon, por exemplo.
CECILY: Pero non me gusta o nome de Algernon.
ALGERNON: Ben, querida, doce, amada mociña, realmente non podo
comprender que se lle pode obxectar ó nome de Algernon. Despois
de todo, non é un nome malo. De feito, é un nome bastante
aristocrático. A metade dos que son levados diante do tribunal
de bancarrota chámanse Algernon. Pero, en serio, (Acercándose
a ela.) Se o meu nome fose Algy, ¿non me amaría vostede?
CECILY: (Levantándose.) Podería respectalo Ernest,
podería admira-lo seu carácter pero temo que non podería
prestarlle toda a miña atención.
ALGERNON: ¡Egem! ¡Cecily! (Collendo o sombreiro.)
O seu rector que está aquí, supoño que terá
unha experiencia encomiable na práctica dos ritos e cerimonias
da igrexa.
CECILY: ¡Oh, si! O Dr. Chasuble é un home moi culto. El
nunca escribiu un só libro, así que imaxínese a
cantidade de cousas que sabe.
ALGERNON: Debo velo para un bautizo moi importante, digo, para un asunto
moi importante.
CECILY: ¡Oh!
ALGERNON: Non estarei fóra máis de media hora.
CECILY: Considerando que nos comprometemos o pasado catorce de febreiro,
e que hoxe é a primeira vez que nos vimos, creo que é
bastante duro que me deixe soa por un período tan longo de media
hora. ¿Non poderían ser vinte minutos?
ALGERNON: Volverei de contado. (Bícaa e marcha correndo polo
xardín.)
CECILY. ¡Que mozo máis impetuoso! Encántame o seu
pelo. Debo escribi-la súa proposición no meu diario.
MERRIMAN: Unha tal miss Fairfax acaba de preguntar para ver a Mr. Worthing.
CECILY: ¿Non está Mr. Worthing na súa biblioteca?
MERRIMAN: Mr. Worthing marchou hai pouco cara á rectoral.
CECILY: Dígalle a esa señora que faga o favor de entrar;
é seguro que Mr. Worthing estea axiña de volta. E vostede
pode trae-lo té.
MERRIMAN: Si, miss. (Sae.)
CECILY: ¡Miss Fairfax! Supoño que será unha desas
vellas damas que traballan co tío Jack nalgúns dos seus
asuntos filantrópicos de Londres. Non me gustan as mulleres que
están interesadas nos asuntos filantrópicos. Considéroo
un atrevemento pola súa parte. (Entra Merriman.)
MERRIMAN: ¡Miss Fairfax! (Entra Gwendolen. Sae Merriman.)
CECILY: (Saíndo ó encontro de Gwendolen.) Permítame
que me presente. O meu nome é Cecily Cardew.
GWENDOLEN: ¡Cecily Cardew! (Aproximándose a ela e dándolle
a man.) ¡ Que nome máis doce! Algo me di que imos
ser grandes amigas. Xa me gusta vostede moito. As miñas primeiras
impresións sobre a xente nunca son erróneas.
CECILY: É moi amable pola súa parte dicirme iso cando
só hai pouco que nos coñecemos.
GWENDOLEN: (Aínda de pé.) ¿Podo chamarlle
Cecily, verdade?
CECILY: ¡Encantada!
GWENDOLEN: E vostede pode chamarme Gwendolen.
CECILY: Se vostede o desexa...
GWENDOLEN: Entón, xa está arranxado, ¿non?
CECILY: Iso espero. (Unha pausa. Séntanse as dúas.)
GWENDOLEN: Quizais esta sexa unha boa oportunidade para dicirlle quen
son. Meu pai é Lord Bracknell. Supoño que nunca escoitou
vostede falar de papá, ¿verdade?
CECILY: Non creo.
GWENDOLEN: Fóra do noso círculo familiar, alégrame
dicilo, papá é completamente descoñecido. Creo
que é así como debe ser. O fogar paréceme a verdadeira
esfera do home. E certamente, cando un home comeza a rexeita-las súas
obrigacións domésticas vólvese dolorosamente efeminado,
¿verdade? E iso non me gusta. Fai ós homes moi atractivos.
Cecily, mamá, coas súas ideas sobre a educación
demasiado estrictas, ensinoume a ser completamente curta de vista; é
parte do seu sistema; ¿importaríalle se a miro a través
dos meus anteollos?
CECILY: ¡Oh! Claro que non, Gwendolen. Agrádame moito que
ollen para min.
GWENDOLEN: (Despois de examinar a Cecily coidadosamente a través
dos seus lentes.) ¿Está aquí de visita, supoño?
CECILY: ¡Oh, non! Vivo aquí.
GWENDOLEN: (Con severidade.) ¿De verdade? Non hai dúbida
de que súa nai ou unha parente súa entrada en anos vive
aquí.
CECILY: ¡Oh, non! Non teño nai. De feito, non teño
familia.
GWENDOLEN: ¿Si?
CECILY: O meu querido titor, coa axuda de miss Prism, ten a ardua tarefa
de ocuparse de min.
GWENDOLEN: ¿O seu titor?
CECILY: Si, eu son a pupila de Mr. Worthing.
GWENDOLEN: ¡Oh! É estraño, el nunca me dixo que
tiña unha pupila. ¡Que reservado! Agora considéroo
aínda máis interesante. Nembargantes, non estou segura
de que a noticia me cause unha alegría completa. (Levantándose
e andando cara a ela.) Agrádame moito, Cecily. Gústame
moito desde o momento en que a vin. Pero debo dicir, se lle podo falar
con franqueza, que agora que sei que é vostede a pupila de Mr.
Worthing, non consigo expresar un desexo de que fose.... ben... un pouco
máis vella do que semella ser, e non tan bonita en aparencia.
CECILY: ¡Prégollo! Creo que se alguén ten algo desagradable
que dicir, débeo dicir con sinceridade.
GWENDOLEN: Ben, pois para falar con total franqueza, desexaría
que tivese vostede corenta e dous anos e que fose máis fea do
que se é a esa idade. Ernest ten un carácter forte e recto.
El é unha alma de verdade e de honor. A deslealdade sería
algo impensable nel. Pero incluso os homes de carácter posiblemente
moral máis nobre son extremadamente susceptibles á influencia
dos encantos dos outros. A historia moderna, e non menos a antiga, demóstranos
con numerosos exemplos dolorosos ó que me refiro. De feito, se
non fose así, a historia sería ilexible.
CECILY: Perdón, Gwendolen, ¿dixo vostede Ernest?
GWENDOLEN: Si.
CECILY: Si, pero non é Mr. Ernest Worthing o meu titor. É
o seu irmán, o seu irmán máis vello.
GWENDOLEN: (Sentándose de novo.) Ernest nunca me dixo
que tivese un irmán.
CECILY: Sinto dicirlle que durante moito tempo non estiven a ben con
el.
GWENDOELN: ¡Ah! Iso explícao todo. E agora que o penso,
nunca escoitei falar a ningún home do seu irmán. O asunto
non semella agradable para os homes. Cecily, sacoume vostede un peso
de enriba. Estábame poñendo nerviosa. Sería terrible
se algunha nube embazase unha amizade coma a nosa, ¿verdade?
De feito, ¿está segura, de todo segura que non é
Mr. Worthing o seu titor?
CECILY: Completamente segura. (Unha pausa.) A verdade é
que vou ser eu a súa titora.
GWENDOLEN: (Inquisitorialmente.) ¿Como di?
CECILY: (Bastante tímida e confidencialmente.) Querida
Gwendolen, non hai ningunha razón para que lle garde a vostede
o segredo. O noso periódico local publicarao a semana que vén.
Mr. Ernest Worthing e mais eu estamos comprometidos e imos casar.
GWENDOLEN: (Amablemente e levantándose.) Querida Cecily,
creo que debe haber un lixeiro erro. Mr. Ernest Worthing está
comprometido comigo. O anuncio aparecerá como moi tarde o sábado
no Morning Post.
CECILY: (Amablemente, levantándose.) Temo que debe estar
vostede nun erro. Ernest declaróuseme hai dez minutos. (Móstralle
o diario.)
GWENDOLEN: (Examina coidadosamente o diario cos seus lentes.) É
moi curioso, porque el pediume que fose a súa muller onte pola
tarde ás cinco e media. Se quere corrobora-lo asunto, prégolle
que o faga. (Saca o seu diario.) Unha sempre debe ter algo
sensacional que ler no tren. Sinto moito, querida Cecily, se lle causei
algún malestar, pero creo que teño prioridade.
CECILY: Sentiríao moito máis do que pode imaxinar, querida
Gwendolen, causarlle unha dor mental ou física, pero síntome
obrigada a dicirlle que desde que llo propuxo Ernest está claro
que xa cambiou de opinión.
GWENDOLEN: (Con aire meditativo.) Se o pobre rapaz se deixou
atrapar por unha torpe promesa, considero que é a miña
obrigación rescatalo dunha vez, e con man firme.
CECILY: (Con ton triste e pensativo.) Calquera que sexa a lea
desafortunada na que se meteu o meu prometido, nunca llo reprocharei
despois de casados.
GWENDOLEN: ¿Alude vostede a min, miss Cardew, cando fala de lea?
É vostede unha presuntuosa. Nunca ocasión destas é
máis que un deber moral dici-lo que pensa a mente. É un
pracer.
CECILY: ¿Suxire vostede que eu atrapei a Ernest nun compromiso?
¿Como se atreve? Este non é o momento de andar con miramentos.
Cando vexo un sacho, chámolle sacho.
GWENDOLEN: (Con sarcasmo.) Alégrame dicir que nunca
vin un sacho. É obvio que as nosas escalas sociais son completamente
diferentes.
( Entra Merriman, seguido dun criado. Porta unha bandexa, un mantel
e un xogo de té. Cecily está a punto de contestar, pero
a presencia dos criados exerce unha influencia tranquilizadora baixo
a cal se conteñen as dúas mozas.)
MERRIMAN: ¿Sirvo o té coma de costume, miss?
CECILY: (Severamente, con calma.) Si, coma de costume.
( Merriman comeza a quitar as cousas da mesa e despois coloca o
mantel. Unha longa pausa. Cecily e Gwendolen óllanse.)
GWENDOLEN: ¿Hai excursións interesantes para facer aquí
polos arredores, miss Cardew?
CECILY: ¡Oh! Si, un montón. Dende o máis alto das
montañas pódense ver cinco provincias.
GWENDOLEN: ¿Cinco provincias? Non creo que me guste iso. Detesto
as multitudes.
CECILY: (Docemente.) Supoño que é por iso polo
que vive vostede na cidade. (Gwendolen morde os beizos e nerviosamente
golpea o pé co seu parasol.)
GWENDOLEN: (Ollando arredor.) Un xardín moi ben coidado
este de aquí, miss Cardew.
CECILY: Alégrome de que lle guste, miss Fairfax.
GWENDOLEN: Non tiña nin idea de que houbese flores no campo.
CECILY: ¡Oh! As flores son tan comúns aquí coma
a xente en Londres.
GWENDOLEN: Persoalmente, non podo entender cómo a xente pode
vivir no campo, se é que alguén o fai. O campo abúrreme
un montón.
CECILY: ¡Ah! Iso é o que os xornais chaman depresión
agrícola, ¿verdade? Creo que a aristocracia padécea
moito no presente. É case unha epidemia entre eles, segundo me
dixeron. ¿Podo ofrecerlle un pouco de té, miss Fairfax?
GWENDOLEN: (Con moita amabilidade.) Gracias. (Á
parte.) ¡Moza odiosa! ¡Pero eu necesito té!
CECILY: (Docemente.) ¿Azucre?
GWENDOLEN: (Con arrogancia.) Non, gracias. O azucre non está
de moda. (Cecily miraa con enfado, colle o azucreiro e pon catro
terróns de azucre na taza.)
CECILY: (Con severidade.) ¿Pastel ou pan con manteiga?
GWENDOLEN: (Con aburrimento.) Pan con manteiga, por favor.
O pastel xa non se ve nas mellores casas hoxe en día.
( Merriman faino e marcha co criado. Gwendolen bebe o té
e fai un aceno. Deixa a taza, vai coller o pan con manteiga, mírao
e descobre que é pastel. Móstrase indignada.)
GWENDOLEN: Púxome vostede no meu té terróns de
azucre e aínda que lle pedín pan con manteiga vostede
deume pastel. Son coñecida pola miña xentil disposición
e pola dozura do meu carácter, pero agora vostede foi xa demasiado
lonxe.
CECILY: (Poñéndose d epé.) Para salva-lo
meu pobre e confiado prometido das maquinacións de calquera outra
moza iría ata onde fixese falta.
GWENDOLEN: Desde o momento en que a vin desconfiei de vostede. Notei
que era falsa e atrevida. Nunca me equivoco neste asuntos. As miñas
primeiras impresións sobre a xente son sempre certas.
CECILY: Paréceme, miss Fairfax, que lle estou facendo perder
un valioso tempo. Non hai dúbida de que terá que facer
outras visitas de similar carácter no vecindario. (Entra
Jack.)
GWENDOLEN: (Ó darse conta da súa chegada.) ¡Ernest!
¡Meu Ernest!
JACK: ¡Gwendolen! ¡Amada miña! (Vaina bicar.)
GWENDOLEN: (Retrocedendo.) ¡Un momento! ¿Pódolle
preguntar se vostede está prometido para casar con está
moza? (Sinala a Cecily.)
JACK: (Rindo.) ¡Miña querida Cecily! ¡Por
suposto que non! ¿Quen che meteu semellante idea na tua bonita
cabeciña?
GWENDOLEN: Gracias. Agora pode bicarme. (Ofrécelle a meixela.)
CECILY: (Moi doce.) Creo que debe haber unha confusión,
miss Fairfax. O cabaleiro que ten o seu brazo rodeándolle a cintura
é o meu titor, Mr. John Worthing.
GWENDOLEN: ¿Perdón?
CECILY: Este é tío Jack.
GWENDOLEN: (Retrocedendo.) ¡Jack! ¡Oh! (Entra
Algernon.)
CECILY: Aquí está Ernest.
ALGERNON: (Vai cara a Cecily sen decatarse de que hai alguén
máis na estancia.) ¡Meu amor! (Vaina bicar.)
CECILY: (Retrocedendo.) ¡Un momento, Ernest! ¿Pódolle
preguntar se vostede está prometido con esta moza ?
ALGERNON: (Mirando arredor.) ¿Que moza? ¡Santo
ceo! ¡Gwendolen!
CECILY: Si, santo ceo, Gwendolen, si, Gwendolen.
ALGERNON: (Rindo.) ¿Quen lle meteu semellante idea na
súa bonita cabeciña? (Algernon bícaa.)
GWENDOLEN: Creo que debe haber algún erro, miss Cardew. O cabaleiro
que a está abrazando agora é meu curmán, Mr. Algernon
Moncrieff.
CECILY: (Separándose de Algernon.) ¡Algernon Moncrieff!
¡Oh!
( As dúas mozas acércanse unha á outra e cóllense
pola cintura para protexérense mutuamente.)
CECILY: ¿Chámase vostede Algernon?
ALGERNON: Non podo negalo.
CECILY: ¡Oh!
GWENDOLEN: ¿O seu nome é realmente Jonh?
JACK: (Con certo orgullo.) Podería negalo se quixese.
Pero de feito o meu nome é Jonh. Foi John durante moitos anos.
CECILY: (A Gwendolen.) ¡Que decepción sufrimos
ámbalas dúas!
GWENDOLEN: ¡Pobre Cecily, ferida!
CECILY: ¡Querida Gwendolen, maltratada!
GWENDOLEN: (Falando lento e seriamente.) Pódeme chamar
irmá. (Abrázanse, e Jack e Algernon comezan a falar
en voz baixa e empezan a andar dun lado para outro.)
CECILY: (Con rotundidade.) Hai só unha pregunta que
me gustaría facerlle ó meu titor.
GWENDOLEN: ¡Unha idea admirable! Mr. Worthing hai unha pregunta
que quixera facerlle. ¿Onde está o seu irmá Ernest?
Nó-las dúas estamos prometidas para casar co seu irmá
Ernest, por iso é un asunto de grande importancia saber onde
está o seu irmán Ernest neste intre.
JACK: (Falando con lentitude e dubitativo.) Gwendolen, Cecily,
é moi doloroso para min verme obligado a dici-la verdade. É
a primeira vez na miña vida que paso por unha situación
tan dolorosa como esta, e realmente non teño moita experiencia
de cómo debo facelo. Sen embargo, direilles con franqueza que
eu non teño ningún irmá chamado Ernest. De feito,
non teño irmáns. No tiven un irmán na miña
vida, e tampouco a menor intención de ter un no futuro.
CECILY: (Sorprendida.) ¿Ningún irmán?
JACK: (Con alegría.) ¡Ningún!
GWENDOLEN: (Severamente.) ¿Nunca tivo un irmán?
JACK: (Alegremente.) Endexamais. Ningún.
GWENDOLEN: Creo que está bastante claro, Cecily, de que ningunha
de nós está prometida para casar con ninguén.
CECILY: Non é unha situación agradable para unha moza
de súpeto, ¿verdade?
GWENDOLEN: Entremos na casa. Non creo que ousen seguirnos ata alí.
CECILY: Non, ¡Os homes son tan covardes!¿verdade? (Entran
na casa despois de miralos con desdén.)
JACK: Supoño que a este lamentable estado de cousas é
ó que ti lle chamas buburyzar, ¿verdade?
ALGERNON: Si, e resultou ser un perfecto bunburysmo. O bunburysmo máis
marabilloso que fixen na miña vida.
JACK: Ben, non tes ningún dereito a bunburyzar aquí.
ALGERNON: Iso é absurdo. Un ten dereito a bunburyzar onde queira.
Todo bunburysta serio sabe iso.
JACK: ¿ Bunburysta serio? ¡Santo ceo!
ALGERNON: Ben, un ten que ser serio en algo se quere divertirse na vida.
Eu son serio co bunburysmo. Non teño a menor idea do qué
tomas ti en serio. Presumo que tomas todo en serio. Tes un carácter
absolutamente trivial.
JACK: Ben, a única satisfacción que me queda de todo este
horrible asunto é que o teu amigo Bubury deixou de existir. Non
serás capaz de vir ó campo coma de costume, querido Algy.
Despois de todo, tamén é unha cousa boa.
ALGERNON: O teu irmán tamén está un pouco acabado,
¿verdade, Jack? Non serás quen de ires a Londres como
tiñas por costume. Despois de todo, tampouco é unha cousa
mala.
JACK: En canto á túa conducta con miss Cardew, debo dicirche
que facer iso cunha moza tan doce, sinxela e inocente é algo
completamente inexcusable. Sen menciona-lo feito de que ela é
a miña pupila.
ALGERNON: Non hai desculpa posible na túa forma de tratar a unha
moza brillante, intelixente e experimentada como miss Fairfax, iso sen
dicir que é miña curmá.
JACK: Eu quería casar con Gwendolen, iso é todo. Ámoa.
ALGERNON: Ben, eu simplemente quería casar con Cecily. Adóroa.
JACK: Ben, non creo que teñas posibilidade de casar con miss
Cardew.
ALGERNON: Eu non vexo moitas posibilidades, Jack, na unión entre
ti e miss Fairfax.
JACK: Ben, ese non é asunto teu.
ALGERNON: Se non fose asunto meu, non falaría del. (Comeza
a comer pasteis.) É moi vulgar falar dos asunto dun. Só
os que son coma os axentes de bolsa o fan, e aínda así
só nos banquetes.
JACK: ¿Como podes estar sentado aí, comendo pasteis cando
temos este horrible problema? Non o entendo. Parécsme un ser
sen corazón.
ALGERNON: Ben, non podo comer pasteis cando estou nervioso. Probablemente,
a manteiga mancharíame os puños. Un sempre debe come-los
pasteis con calma. É a única maneira de comelos.
JACK: Digo que non tes corazón ó poder comer pasteis nestas
circunstancias.
ALGERNON: Cando teño problemas, comer é o único
que me dá consolo. De feito, cando teño algún problema,
tódolos que me coñecen intimamente poden dicircho, négome
a todo, excepto a comer e a beber. Agora, neste momento, estou comendo
pasteis porque me sinto infeliz. Ademais, encántanme os pasteis
(Ponse en pé.)
JACK: (Levántase.) Ben, pero non é razón
para que os comas dese xeito tan voraz. (Quítalle os pasteis
a Algernon.)
ALGERNON: (Ofrecéndolle pastel de té.) Desexaría
que comeses pastel de té en vez dos pasteis. Non me gusta o pastel
de té.
JACK: ¡Santo ceo! Supoño que un pode come-los seus propios
pasteis no seu propio xardín.
ALGERNON: Pero ti acabas de dicir que é totalmente desapiadado
comer pasteis.
JACK: Eu dixen que era totalmente desapiadado pola túa parte
nestas circunstancias. Isto é algo diferente.
ALGERNON: Pode ser, pero os pasteis son os mesmos.(Quítalle
a Jack a bandexa de pasteis.)
JACK: Algy, gustaríame que tivése-la bondade de marchar.
ALGERNON: Non me podes pedir que marche sen antes cear algo. É
absurdo. Nunca marcho sen cear. Ninguén o fai, salvo os vexetarianos
e toda esa xente. Ademais, quedei ás seis menos cuarto co Dr.
Chasuble para ser bautizado co nome de Ernest.
JACK: Estimado amigo, canto máis axiña deixes de pensar
nesa parvada, mellor. Quedei esta mañá co Dr. Chasuble
para ser bautizado ás cinco e media, e naturalmente será
co nome de Ernest. Gwendolen quéreo así. Non podemos ser
bautizados os dous co nome de Ernest. É absurdo. Ademáis,
teño perfecto dereito a ser bautizado se quero. Non hai probas
de que eu fose bautizado por ninguén. Creo que non é probable
que o estea, e o Dr. Chasuble tamén é da mesma opinión.
No teu caso, é completamente diferente. Ti xa fuches bautizado.
ALGERON: Si, pero diso xa hai anos.
JACK: Si, pero bautizáronte. Iso é o que importa.
ALGERNON: Certo. Por iso sei que a miña constitución poderá
soportalo. Se ti non estás seguro de que fuches bautizado, debo
dicirche que é perigoso aventurarse a facelo agora. Non debes
esquecer que alguén moi relacionado contigo estivo a piques de
morrer en París dun forte arrefriado.
JACK: Si, pero ti dixeches que un arrefriado non era hereditario.
ALGERNON: Normalmente, non, xa o sei; pero agora atrévome a dicir
que si. A Ciencia sempre está facendo progresos marabillosos.
JACK: (Collendo a bandexa cos pasteis.) ¡Oh! Iso son
parvadas. Sempre estás dicindo parvadas.
ALGERNON: ¡Jack, outra vez cos pasteis! Gustaríame que
os deixases. Só quedan dous. (Cólleos.) Díxenche
que me encantan os pasteis.
JACK: Pero eu destesto o pastel de té.
ALGERNON: Entón... ¿por que diaños permites que
llo sirvan ós teus invitados? ¡Que ideas tes sobre a hospitalidade!
JACK: ¡Algernon! Xa che dixen que marchases. Non te quero aquí.
¿Por que non te vas?
ALGERNON: ¡Aínda non acabei o meu té! E aínda
queda un pastel. (Jack rosma e déixase caer nunha cadeira. Algernon
continúa comendo.)
- PANO -
Acto Terceiro
Escena: no salón de Manor House, Woolton. Gwendolen e Cecily
están na fiestra mirando para o xardín.
GWENDOLEN: O feito de que non nos seguisen ata dentro da casa, como
faría outro calquera, paréceme que demostra que aínda
lles queda algún sentido da vergoña.
CECILY: Estiveron comendo pasteis. Parece que están arrepentidos.
GWENDOLEN: (Despois dunha pausa.) Non parecen darse conta da nosa presencia.
¿Non podería tusir vostede?
CECILY: Pero non teño un arrefriado.
GWENDOLEN: Mírannos. ¡Que descaro!
CECILY: Aproxímanse. Ese é un atrevemento pola súa
parte.
GWENDOLEN: Gardemos un digno silencio.
CECILY: Por suposto. É o único que podemos facer agora.
(Entra Jack seguido por Algernon. Veñen asubiando un aire
horriblemente popular dunha ópera inglesa.)
GWENDOLEN: Este digno silencio parece producir un efecto desagradable.
CECILY: Do máis deplorable.
GWENDOLEN: Pero nós non serémo-las primeiras en falar.
CECILY: Por suposto que non.
GWENDOLEN: Mr. Worthing, teño algo moi particular que preguntarlle.
Moitas cousas dependen da súa resposta.
CECILY: O seu sentido común non ten prezo. Mr. Moncrieff, respóndame
amablemente a seguinte pregunta: ¿por que finxiu ser o irmá
do meu titor?
ALGERNON: Para te-la oportunidade de coñecela.
CECILY: (A Gwendolen.) Iso parece unha explicación satisfactoria,
¿verdade?
GWENDOLEN: Si, querida, pode crelo vostede.
CECILY: Non o creo. Pero iso non afecta a marabillosa beleza da súa
resposta.
GWENDOLEN: Certo. Nos asuntos de importancia vital, o importante é
o estilo, non a sinceridade. Mr. Worthing, ¿que explicación
me pode dar para finxir ter un irmán? ¿Fíxoo coa
intención de ter unha oportunidade de vir á cidade a verme
tan a miúdo como lle fose posible?
JACK: ¿Pode vostede dubidalo, miss Fairfax?
GWENDOLEN: Teño moitas dúbidas sobre o asunto. Pero intento
desfacerme delas. Este non é momento para o escepticismo xermano.
(Acercándose a Cecily.) As súas explicacións parecen
ser bastante satisfactorias, sobre todo as de Mr. Worthing. Parece haber
nelas o selo da verdade.
CECILY: Estou máis que leda co que dixo Mr. Moncrieff. A súa
soa voz inspírame absoluta credibilidade.
GWENDOLEN: Entón, ¿cre vostede que deberiamos perdoarlles?
CECILY: Si. Creo que si.
GWENDOLEN: Ben, eu xa lle perdoei. Hai principios que un non debe esquecer.
¿Cal de nós lle-lo dirá? A tarefa non é
agradable.
CECILY: ¿Non podemos fala-las dúas ó mesmo tempo?
GWENDOLEN: ¡Unha idea excelente! Eu case sempre falo ó
mesmo tempo cós demais. ¿Quere vostede que lle diga cando
debe falar?
CECILY: Por suposto. (Gwendolen leva o compás co dedo levantado.)
GWENDOLEN E CECILY: (Falando as dúas á vez.) ¡Os
vosos nomes cristiáns son aínda unha barreira infranqueable!
Iso é todo.
JACK E ALGERNON: (Falando os dous á vez.) ¿Os nosos nomes
cristiáns? ¿Iso é todo? Nós imos ser bautizados
esta tarde.
GWENDOLEN: (A Jack.) ¿Estaría vostede disposto
a facer esa terrible cousa por min?
JACK: Si.
CECILY: (A Algernon.) ¿Para compracerme está
vostede disposto para facer fronte a esa horrible situación?
ALGERNON: Si.
GWENDOLEN: ¡Que absurdo falar sobre a igualdade dos sexos! En
canto a sacrificios, os homes chegan máis lonxe ca nós.
JACK: Nós somos así. (Dálle a man a Algernon.)
CECILY: Eles teñen momentos de valentía dos que as mulleres
practicamente non sabemos nada.
GWENDOLEN: (A Jack.) ¡Querido!
ALGERNON: (A Cecily.) ¡Vida miña! (Caen uns
nos brazos do outro.)
( Entra Merriman. Ó ve-la situación, tose fortemente.)
MERRIMAN: ¡Egem! ¡Egem! Lady Bracknell.
JACK: ¡Santo ceo!
(Entra lady Bracknell. As parellas sepáranse rapidamente.
Merriman vaise.)
LADY BRACKNELL: ¡Gwendolen! ¿Que significa isto?
GWENDOLEN: Simplemente que estou prometida con Mr. Worthing e que vou
casar con el, mamá.
LADY BRACKNELL: ¡Ven aquí! Senta. Senta inmediatamente.
A vacilación de calquera clase é un sinal de debilidade
mental nos mozos e de debilidade física nos vellos. (Vólvese
cara a Jack.) Señor, cando souben da fuxida da miña
filla pola miña doncela , gracias a que comprei a súa
confidencia a cambio dunhas cantas moedas, seguina inmediatamente nun
tren de mercadorías. O seu desgraciado pai cre, estou leda de
dicilo, que está oíndo unha conferencia no Círculo
de Extensión Universitaria sobre o tema “Influencia da
renda permanente no pensamento”. Non quero desenganalo. Realmente
endexamais o desenganei de nada. Pero por suposto, entenderá
vostede sen ningunha dificultade que toda comunicación entre
vostede e maila miña filla debe cesar inmediatamente. Neste punto,
coma sobre os outros puntos, son firme.
JACK: ¡Estou prometido con Gwendolen, lady Bracknell!
LADY BRACKNELL: Vostede non está prometido con ninguén,
señor. E agora que vexo a... ¡Algernon! ¡Algernon!
ALGERNON: Si, tía Augusta.
LADY BRACKNELL: ¿Pódoche preguntar se é esta a
casa onde vive o teu inválido amigo Mr. Bunbury?
ALGERNON: (Tatabexado.) ¡ Oh, non! Bunbury non vive aquí.
Bunbury debe estar en algures neste intre. De feito, está morto.
LADY BRACKNELL: ¡Morto! ¿Cando morreu Mr. Bunbury? A súa
morte debeu de ser bastante repentina.
ALGERNON: (Alegremente.) ¡Oh! Matei a Bunbury esta tarde.
Quero dicir que Bunbury morreu esta tarde.
LADY BRACKNELL: ¿De que morreu?
ALGERNON: ¿Bunbury? ¡ Oh! Estoupou por completo.
LADY BRACKNELL: ¿Estoupou? ¿Foi víctima dunha conspiración
revolucionaria? Non sabía que Mr. Bunbury estivese interesado
na lexislación social. Se é así, estalle ben empregado
pola súa morbosidade.
ALGERNON: Querida tía Augusta, quero dicir que foi descuberto.
Os doutores descubriron que Bunbury non podía vivir, iso é
o que quero dicir, por iso morreu Bunbury.
LADY BRACKNELL: Parece ter unha absoluta confianza na opinión
dos médicos. Alégrame, nembargantes, que por fin decidise
facer unha cousa definitiva por consello médico. E agora que
xa nos desfixemos de Mr. Bunbury, ¿pódolle preguntar,
Mr. Worthing, quen é a mociña que está collida
pola man do meu sobriño dunha maneira que me parece completamente
innecesaria?
JACK: Esta moza é miss Cecily Cardew, a miña pupila. (Lady
Bracknell saúda con frialdade a Cecily.)
ALGERNON: Estou prometido con Cecily, tía Augusta.
LADY BRACKNELL: ¿Perdón?
CECILY: Mr. Moncrieff e mais eu estamos prometidos, lady Bracknell.
LADY BRACKNELL: (Cun estremecemento, vai cara ó sofá
e senta.) Non sei se hai unha peculiar excitación no ambiente
desta parte de Hertfordshire, pero o número de compromisos que
hai paréceme que supera considerablemente o que din as estatísticas.
Creo que algunhas preguntas preliminares pola miña parte non
estarían fóra de lugar. Mr. Worthing, ¿está
relacionada miss Cardew con algunha das estacións de ferrocarril
de Londres? Simplemente desexo información. Ata agora non tiña
nin idea de que houbese familias cun nome procedente dunha terminal
de ferrocarril. (Jack ponse furioso, pero contense.)
JACK: (Con voz clara e fría.) Miss Cardew é a
neta do último Mr. Thomas Cardew, de Belgrave Square, cento corenta
e nove, SW; Gervase Park, Dorking, Surrey e Sporra, Fifeshire, NB.
LADY BRACKNELL: Iso é satisfactorio. Tres direccións sempre
inspiran confianza, ata nos comerciantes. ¿Pero que probas teño
eu da súa autenticidade?
JACK: Conservei con coidado as guías daquela época. Están
á súa disposición, lady Bracknell.
LADY BRACKNELL: (Con aspereza.) Sei que hai varios erros nesas
publicacións.
JACK: Os avogados da familia de miss Cardew son os señores Markby,
Markby e Markby.
LADY BRACKNELL: ¿Markby, Markby e Markby? Unha firma da máis
alta garantía da súa profesión. Dixéronme
que os Markby foron vistos varias veces nas festas de sociedade. Estou
satisfeita.
JACK: (Moi enfadado.) ¡Que amable é vostede, lady
Bracknell! Tamén teño no meu poder, se quere sabelo, o
certificado de nacemento de miss Cardew, o do bautismo, o da tose ferina,
confirmación e xarampón; todos en alemán e en inglés.
LADY BRACKNELL: ¡Ah! Unha vida chea de incidentes, polo que vexo.
Aínda que quizais demasiado excitante para unha moza. Non estou
a favor das experiencias prematuras. (Levántase e mira o
reloxo.) ¡Gwendolen! É hora de marchar. Non temos
tempo que perder. Por pura fórmula, Mr. Worthing, ¿ten
miss Cardew algunha fortuna?
JACK: Si, unhas cento trinta mil libras en fondos públicos. Iso
é todo. Adeus, lady Bracknell. Alégrome de vela.
LADY BRACKNELL: (Sentando outra vez.) Un momento, Mr. Worthing.
¡Cento trinta mil libras! ¡E en fondos públicos!
Miss Cardew paréceme unha mociña moi atractiva, agora
que a miro ben. Poucas mozas teñen no presente calidades tan
sólidas, calidades desas que perduran e que melloran co tempo.
Vivimos, sinto dicilo, nunha época de aparencias. (A Cecily.)
Veña aquí, querida. (Cecily acércase.)
¡Bonita moza! Os seus vestidos son demasiado sinxelos e o seu
pelo demasiado natural. Pero iso podémo-lo arranxar axiña.
Unha experimentada doncela francesa obterá un marabilloso resultado
nun curto espacio de tempo. Recordo que lla recomendei a xove lady Lancing
e ós tres meses non a coñecía nin o seu home.
JACK: E ós seis meses non a coñecía ninguén.
LADY BRACKNELL: (Mira a Jack enfadada un intre. Despois ri cara
a Cecily.) Sexa vostede tan amable de da-la volta, querida. (
Cecily dá unha volta completa.) Non, é o perfil o
que quero ver. (Cecily ponse de perfil.) Si, exactamente como
eu esperaba. Hai distintas posibilidades sociais no seu perfil. Os dous
puntos fracos da nosa sociedade son a carencia de principios e a carencia
de perfil. O queixo un pouco máis alto, querida. O estilo depende
da forma na que unha leve o queixo. Agora lévase moi alto. ¡Algernon!
ALGERNON: Si, tía Augusta.
LADY BRACKNELL: Hai distintas posibilidades sociais no perfil de miss
Cardew.
ALGERNON: Cecily é a máis doce, a moza máis marabillosa
do mundo. E non me importan nada as posibilidades sociais.
LADY BRACKNELL: Non fales irrespectuosamente da sociedade. Só
a xente que non pode formar parte dela o fai. (A Cecily.) Querida
nena, naturalmente saberá vostede que Algernon non ten máis
que débedas. Pero eu non aprobo os matrimonios interesados. Cando
casei con lord Bracknell eu non tiña fortuna de ningunha clase,
pero nin soñei por un momento que iso fose un atranco no meu
camiño. Ben, supoño que debo da-lo meu consentimento.
ALGERNON: Gracias, tía Augusta.
LADY BRACKNELL: ¡Cecily, pode bicarme!
CECILY: (Bícaa.) Gracias, lady Bracknell.
LADY BRACKNELL: No futuro podes chamarme tía Augusta.
CECILY: Gracias, tía Augusta.
LADY BRACKNELL: Creo que o mellor sería que o matrimonio se celebrase
axiña.
ALGERNON: Gracias, tía Augusta.
CECILY: Gracias, tía Augusta.
LADY BRACKNELL: Falando con franqueza, non son partidaria das relacións
longas. Dan a oportunidade ós noivos de chegar a coñece-los
seus caracteres antes do casamento e non creo que iso sexa aconsellable.
JACK: Perdoe que a interrompa, lady Bracknell, pero deste matrimonio
non hai nin que falar. Eu son o titor de miss Cardew e ela non pode
casar sen o meu consentimento ata que sexa maior de idade. E négome
en absoluto a dar ese consentimento.
LADY BRACKNELL: ¿Podo saber por que? Algernon é un partido
extremadamente, e case podo dicir ostentosamente, aceptable. Non ten
nada, pero parece que ten moito. ¿Que máis se pode desexar?
JACK: Entristéceme moito ter que falar con franqueza, lady Bracknell,
sobre o seu sobriño, pero o feito é que eu non aprobo
de ningunha maneira o seu sentido moral. Sospeito que é un mentireiro.
(Algernon e Cecily mírano con abraio e indignados.)
LADY BRACKNELL: ¡Mentireiro! ¿O meu sobriño Algernon?
É un estudiante de Oxford.
JACK: Temo que non hai dúbida posible sobre ese asunto. Esta
tarde, durante a miña ausencia temporal en Londres para un importante
asunto persoal, entrou na miña casa facéndose pasar polo
meu irmán. Baixo ese falso nome, bebeu, segundo me dixo o mordomo,
unha botella enteira do meu Pierres-Jonet, brut do oitenta e nove, un
viño que eu gardaba especialmente para min. Continuando coa súa
vergoñenta mentira, durante a tarde conseguiu facerse co cariño
da miña única pupila. Despois tomou o té e comeu
tódolos pasteis. E o que fai a súa conducta aínda
máis desapiadada é que el sabía que eu non teño
ningún irmán, que nunca o tiven e que tampouco pretendo
telo. Eu mesmo llo dixen así onte pola tarde.
LADY BRACKNELL: ¡Egem! Mr. Worthing, despois da súa coidadosa
consideración, decidín non ter en conta a conducta do
meu sobriño con vostede.
JACK: É moi xeneroso pola súa parte, lady Bracknell. A
miña decisión, nembargantes, é inalterable. Négome
a da-lo meu consentimento.
LADY BRACKNELL: (A Cecily.) Veña aquí, querida.
(Cecily acércase.) ¿Cantos anos ten?
CECILY: Ben, en realidade teño dezaoito pero cando vou ás
festas sempre digo que teño vinte.
LADY BRACKNELL: Ten vostede dereito a facer algunha pequena alteración.
En realidade unha muller non debe dicir nunca a súa verdadeira
idade. Iso parece tan calculador. (Con xesto pensativo.) Dezaoito,
pero dicindo vinte nas festas... Ben, non falta moito para que estea
libre das restriccións da tutela. Así pois, creo que o
consentimento do seu titor é, despois de todo, unha cousa sen
importancia.
JACK: Prégolle que me perdoe, lady Bracknell, por interrompela
outra vez, pero debo dicir, que de acordo co testamento do avó
de miss Cardew, ela non será maior de idade ata os trinta e cinco
anos.
LADY BRACKNELL: Iso non me parece un problema importante. Trinta e cinco
anos é unha idade moi atractiva. Londres está cheo de
mulleres de alta liñaxe que teñen desde hai moitos anos
e por propia vontade trinta e cinco anos. Lady Dumbleton é un
exemplo. Sei que ten trinta e cinco anos desde que chegou ós
corenta, cousa que foi hai moitos anos. Non vexo razón para que
a nosa querida Cecily non sexa máis atractiva á idade
que vostede mencionou que agora no presente. Ademais, é seguro
que daquela os seus bens aumentarán.
CECILY: Algy, ¿poderá esperarme vostede ata que teña
trinta e cinco anos?
ALGERNON: Claro que si, Cecily. Vostede sabe que poderei.
CECILY: Si, seino instintivamente, pero eu non podo esperar todo ese
tempo. Odio esperar, aínda que sexan cinco minutos, a alguén.
Sempre me enfada. Sei que non son moi puntual, pero gústame a
puntualidade nos demais, e por iso é imposible que eu poida esperar,
aínda que sexa para casar.
ALGERNON: Entón, ¿que imos facer, Cecily?
CECILY: Non o sei, Mr. Moncrieff.
LADY BRACKNELL: Meu querido Mr. Worthing, como miss Cardew sabe con
seguridade que non pode esperar ata os trinta e cinco anos, afirmación
que a min me parece que demostra un carácter bastante impaciente,
prégolle que volva considera-la miña decisión.
JACK: Pero, querida lady Bracknell; o asunto está por completo
nas súas mans. No momento en que vostede consinta o meu matrimonio
con Gwendolen aceptarei gustoso o enlace do seu sobriño coa miña
pupila.
LADY BRACKNELL: (Levantándose moi erguida.) Debe darse
perfecta conta de que a súa proposta está fóra
de lugar.
JACK: Entón un celibato apaixonado é o que a todos nós
nos espera.
LADY BRACKNELL: Ese non é o destino que eu me propuxen para Gwendolen.
Algernon, naturalmente, pode elixir por si mesmo. (Saca o seu reloxo.)
Vamos, querida. (Gwendolen levántase.) Xa perdemos
cinco ou seis trens. Se perdesemos algún máis, poderiámonos
expoñer a comentarios na plataforma. (Entra o doutor Chasuble.)
CHASUBLE: Está todo preparado para os bautismos.
LADY BRACKNELL: ¿Os bautismos, señor? ¿Non é
algo prematuro?
CHASUBLE: (Bastante abraiado e sinalando a Jack e a Algernon.)
Eses dous cabaleiros expresaron ou seu desexo para bautizárense
de inmediato.
LADY BRACKNELL: ¿Á súa idade? ¡A idea é
grotesca e irrelixiosa! Algernon, prohíboche que te bautices.
Non quero nin oír falar de tales excesos. Lord Bracknell anoxaríase
moito se soubese a forma en que gastas o teu tempo e o teu diñeiro.
CHASUBLE: ¿Debo entender entón que non haberá bautismos
en toda a tarde?
JACK: Tal e como están agora as cousas non creo que tivese moito
valor práctico para nós, doutor Chasuble.
CHASUBLE: Entristéceme ver que ten vostede eses sentimentos,
Mr. Worthing. Parécense ás ideas heréticas dos
anabaptistas, ideas que eu combatín en catro dos meus sermóns
que aínda non saíron á luz. Nembargantes, como
a súa disposición de ánimo neste intre paréceme
peculiarmente profana, volverei á igrexa inmediatamente. Realmente
o sancristán acábame de dicir que hai hora e media que
miss Prism estame esperando na sancristía.
LADY BRACKNELL: (Axitándose.) ¡Miss Prism! ¿Oínlle
mencionar a miss Prism?
CHASUBLE: Si, lady Bracknell. Agora vou reunirme con ela.
LADY BRACKNELL: Prégolle que me permita entretelo un momento.
Este asunto pode ter unha importancia vital para lord Bracknell e para
min. ¿ Esa miss Prism é unha muller de aspecto repelente,
remotamente relacionada coa ensinanza?
CHASUBLE: (Algo anoxado.) É a máis cultivada das mulleres
e o vivo retrato da responsabilidade.
LADY BRACKNELL: Desde logo é a mesma persoa. ¿Podo saber
que posto ocupa na súa casa?
CHASUBLE: (Con severidade.) Son solteiro, señora.
JACK: (Intervindo.) Lady Bracknell, miss Prism foi durante
os últimos tres anos institutriz e grande amiga de miss Cardew.
LADY BRACKNELL: A pesares do que oio dela, debo vela axiña. Manden
buscala.
CHASUBLE: (Mirando cara a fóra.) Aquí vén.
Xa chega.
( Entra miss Prism moi apurada.)
MISS PRISM: Dixéronme que me esperaba na sancristía, querido
cóengo. Estiven esperando por vostede durante unha hora e tres
cuartos. (Ve a lady Bracknell, que a mira fixamente cunha ollada
petrificadora. Miss Prism ponse pálida. Mira ansiosamente ó
seu arredor como se desexase escapar.)
LADY BRACKNELL: (Con voz severa coma se fose un xuíz.)
¡Prism! (Miss Prism baixa a cabeza morta de vergoña.)
¡Veña aquí, Prism! (Miss Prism achégase
con aire humillado.) ¡Prism! ¿Onde está o rapaz?
(Consternación xeral. O cóengo retrocede abraiado.
Algernon e Jack finxen querer impedir que Cecily e Gwendolen oian os
detalles dun terrible escándalo público.) Hai vinteoito
anos, Prism, deixou vostede a casa de lord Bracknell en Uper Grosvenor
Street, número 104, levando ó seu coidado un neno e un
cochiño de rodas. Endexamais volveu. Unhas semanas máis
tarde, gracias ás investigacións da policía metropolitana,
o cochiño foi descuberto a media noite nun escondido curruncho
de Bayswater. Contiña o manuscrito dunha novela en tres tomos
dun sentimentalismo máis marcado do normal. (Miss Prism estremécese
presa de involuntario anoxo.) Pero o meniño non estaba alí.
(Todos ollan a miss Prism.) ¡Prism!, ¿onde está
o meniño? (Unha pausa.)
MISS PRISM: Lady Bracknell, admito avergoñada que non o sei.
¡Que máis quería eu! O que ocorreu foi o seguinte:
Pola mañá do día que mencionou vostede, un día
que quedou gravado para sempre na miña memoria, prepareime para
levar, como era o meu costume, o rapaz no cochiño. Tamén
levei comigo un vello e grande saco de man no que crin mete-lo manuscrito
dunha novela que escribín nas miñas horas libres. Nun
momento de abstracción mental, que non me perdoarei xamais, puxen
a novela no cochiño e o rapaz no saco de man.
JACK: (Que estivo escoitando atentamente.) ¿Pero onde
depositou vostede o saco de man?
MISS PRISM: Non me pregunte iso, Mr. Worthing.
JACK: Miss Prism, este é un asunto de grande importancia para
mín. Insisto en saber onde depositou vostede o saco de man que
tiña ó rapaz.
MISS PRISM: Deixeino no gardarroupa dunha das estacións de ferrocarril
de Londres.
JACK: ¿Que estación?
MISS PRISM: (Desolada.) En Victoria. Liña de Brighton.
(Derrúbase nunha cadeira.)
JACK: Debo retirarme un intre ó meu cuarto. Gwendolen, espere
aquí.
GWENDOLEN: Se non tarda moito, esperareino aquí toda a miña
vida. (Vaise Jack moi excitado.)
CHASUBLE: ¿Que cre vostede que significa isto, lady Bracknell?
LADY BRACKNELL: Non quero imaxinalo doutor Chasuble: Non preciso dicirlle
que nas familias de elevada posición non se supón que
ocorren coincidencias estrañas. (Arriba escóitanse
ruídos, como se alguén estivese tirando obxectos ó
chan. Todos miran ó teito.)
CECILY: O tío Jack parece extremadamente axitado.
CHASUBLE: O seu titor ten un carácter moi vivo.
LADY BRACKNELL: Este ruído é moi desagradable. Parece
como se tivese unha rifa. Non me gustan as rifas, sexan da clase que
sexan. Sempre son vulgares, e a maioría das veces, convincentes.
CHASUBLE: (Mirando cara a arriba.) Agora detívose. (Deixou
de oírse o ruído.)
LADY BRACKNELL: Gustaríame que se chegase a algunha conclusión.
GWENDOLEN: Esta incerteza é terrible. Espero que remate.
(Entra Jack traendo un saco de man de coiro negro.)
JACK: (Lanzándose cara a miss Prism.) ¿É
este o saco de man, miss Prism? Examíneo con coidado antes de
falar. A felicidade de máis dunha vida depende da súa
resposta.
MISS PRISM: (Con calma.) Parece que é o meu. Si, aquí
está a rozadura que sufriu ó envorcar un ómnibus
en Gower Street en días novos e felices. Aquí está
a mancha que causou o estoupido dun termo, accidente que ocorreu en
Leamington. E aquí, na fechadura, están as miñas
iniciais. Esquecera que tiven o capricho de gravalas. O saco é
sen dúbida o meu. Alégrome de recuperalo tan inesperadamente.
A súa perda foi un grande inconveniente durante todos estes anos.
JACK: (Con voz patética.) Miss Prism, recuperou algo
máis ca ese saco de man. Eu era o rapaz que vostede meteu nel.
MISS PRISM: (Abraiada.) ¿Vostede?
JACK: ¡Si..., nai! (Abrázaa.)
MISS PRISM: (Retrocedendo con indignado abraio.) ¡Mr.
Worthing! Eu son solteira.
JACK: ¡Solteira! Non nego que é un serio golpe, pero despois
de todo, ¿quen ten dereito a guindar unha pedra contra o que
sufriu? ¿Non pode o arrepentimento borrar un acto de loucura?
¿Por que ten que haber unha lei para os homes e outra para as
mulleres? Nai, eu perdóoche. (Intenta abrazala de novo.)
MISS PRISM: (Aínda máis anoxada.) Mr. Worthing,
hai un erro. (Sinalando a lady Bracknell.) Aí está
a muller que pode dicirlle quen é vostede realmente.
JACK: (Despois dunha pausa.) Lady Bracknell, non me gusta ser
curioso pero... ¿tería vostede a amabilidade de dicirme
quen son?
LADY BRACKNELL: Temo que as noticias que lle vou dar non lle agraden
moito. Vostede é o fillo da miña pobre irmá, mistress
Moncrieff, e como consecuencia, irmán maior de Algernon.
JACK: ¡Irmán maior de Algy! Entón, despois de todo
teño un irmán. ¡Sabía que tiña un
irmán! ¡Sempre dixen que tiña un irmán! Cecily...
¿como puideches dubidar de que eu tiña un irmán?
(Colle a man de Algernon.) Dr. Chasuble, o meu infortunado irmán.
Miss Prism, o meu infortunado irmán. Algy, mozo desvergoñado,
terás que tratarme con máis respecto no futuro. Nunca
me trataches coma un irmán en toda a túa vida.
ALGERNON: Ben, rapaz, ata hoxe admito que non. Fíxeno o mellor
que puiden, nembargantes faltábame práctica. (Danse
a man.)
GWENDOLEN: (A Jack.) ¡Ceos! Pero ¿quen é
vostede? ¿Cal é o seu nome agora que é outra persoa?
JACK: ¡Santo ceo! Esquecera por completo ese punto. ¿Supoño
que a súa decisión sobre o asunto do meu nome é
revocable?
GWENDOLEN: Eu xamais cambio, excepto nos meus afectos.
CECILY: ¡Que carácter tan nobre ten vostede, Gwendolen!
JACK: Daquela a cuestión debe ser arranxada axiña. Un
momento, tía Augusta. Cando miss Prism me deixou no saco de man,
¿xa me bautizaran?
LADY BRACKNELL: Todo o luxo que o diñeiro pode comprar, incluído
o bautismo, foi dilapidado con vostede polos seus cariñosos pais.
JACK: ¡ Entón xa estaba bautizado! Iso está comprobado.
Agora, ¿que nome me deron? Díganmo, aínda que sexa
un golpe para min.
LADY BRACKNELL: Sendo o fillo máis vello, é natural que
o bautizasen co nome de seu pai.
JACK: (Anoxado.) Si, pero, ¿cal era o nome de meu pai?
LADY BRACKNELL: (Pensativamente.) Non podo acordarme neste
intre do nome do xeneral. Mais non hai dúbida de que tiña
un. Era un excéntrico, admítoo. Pero só nos últimos
anos. Iso foi por mor do clima da India, do matrimonio, dunha indixestión
e doutras cousas dese estilo.
JACK: ¡ Algy! ¿Non podes recordar cal era o nome do noso
pai?
ALGERNON: Rapaz, endexamais falamos un co outro palabra. Morreu cando
eu tiña un ano.
JACK: O seu nome supoño que aparecerá nos anuarios do
exército da época, ¿verdade, tía Augusta?
LADY BRACKNELL: O xeneral era ante todo un home de paz, excepto na súa
vida doméstica. Mais non hai dúbida de que o seu nome
aparecerá nalgún deses anuarios.
JACK: Teño aquí os dos últimos corenta anos. Estes
interesantes libros deberon de ser obxecto do meu constante estudio.
(Vai cara á biblioteca e saca os libros.) “M.”
Xenerais... Mayan, Maxbohm, Magley... ¡Que nomes tan horribles
teñen!... Markby, Migsby, Mobbs, ¡Moncrieff! Tenente en
mil oitocentos corenta, capitán, tenente coronel, coronel, xeneral
en mil oitocentos setenta e nove; nome de pía, Ernest John. (Pon
o libro no estante con moita tranquilidade e fala con calma.) Sempre
llo dixen, Gwendolen: o meu nome é Ernest. Ben, Ernest, despois
de todo. Quero dicir que é Ernest, naturalmente.
LADY BRACKNELL: Si, agora recordo que o xeneral se chamaba Ernest. Sabía
que tiña que haber unha motivo especial para que o seu nome non
me gustase.
GWENDOLEN: ¡Ernest! ¡O meu Ernest! ¡Sentín
desde o primeiro momento que non podías ter outro nome!
JACK: Gwendolen, é unha cousa terrible para un home saber de
súpeto que en toda a súa vida non dixo máis que
a verdade. ¿Podes perdoarme?
GWENDOLEN: Podo. Porque estou segura de que cambiarás.
JACK: ¡Meu ben!
CHASUBLE: (A miss Prism.) ¡ Leticia! (Abrázaa.)
MISS PRISM: (Entusiasmada.) ¡Frederick! ¡ Por fin!
ALGERNON: ¡Cecily! (Abrázaa.) ¡Por fin!
JACK: ¡Gwendolen! (Abrázaa.) ¡Por fin!
LADY BRACKNELL: Sobriño meu, paréceme que comezas a dar
mostras de trivialidade.
JACK: Ó contrario, tía Augusta; decateime por primeira
vez na miña vida da importancia de ser formal.
- PANO -