|
COMEDIA Personaxes DON XOÁN, fillo de don Lois SGANARELLE, criado de Don Xoán ELVIRA, muller de Don Xoán GUSMÁN, escudeiro de Elvira DON CARLOS, DON ALONSO, irmáns de Elvira DON LOIS, pai de Don Xoán CARLOTA, MATHURINE, campesiñas PERUCHO, campesiño A ESTATUA DO COMENDADOR A VIOLETA, RAGOTÍN, lacaios de Don Xoán SEÑOR DOMINGOS, Trapeiro A RAMÉE, espadachín UN POBRE SÉQUITO DE DON XOÁN SÉQUITO DE DON CARLOS E DE DON ALONSO, irmáns UN ESPECTRO
A escena é en Sicilia ACTO PRIMEIRO Escena primeira SGANARELLE, GUSMÁN SGANARELLE: (Suxeitando unha tabaqueira.) Por máis que poida dicir Aristóteles e toda a filosofía, non hai nada coma o tabaco: é a paixón da xente honesta; e quen vive sen tabaco non merece vivir. Non só alegra e purga os cerebros humanos senón que instrúe as almas na virtude e gracias a el pode un home chegar a ser unha persoa de estima. ¿Non ves, desde que un o toma, de que maneira tan cordial trata a todo o mundo e como o dá á mantenta onde queira que se atope? Nin sequera agarda a que llo pidan, adiántase ó desexo das persoas. Ata tal punto é certo que o tabaco mesmo inspira os sentimentos de honor e de virtude a quen o toma. Mais, abonda con isto, volvamos ó rego. ¿É certo, apreciado Gusmán, que dona Elvira, a túa ama, sorprendida pola nosa partida, se puxo a andar tras de nós, e que o seu corazón, ferido fortemente polo meu amo, non puido vivir sen o vir buscar aquí? Entre nós, ¿queres que che diga o que penso? Teño medo que ela non sexa recompensada polo seu amor, que a súa viaxe a esta cidade fose en balde e que teriades gañado ben máis non movéndovos de aló. GUSMÁN: ¿E logo, cal é a razón? Dime, prégocho, Sganarelle, ¿como podes augurar un suceso tan malo? ¿Abriuche o teu amo o corazón a cerca diso e díxoche que lle demos algunha mostra de hostilidade que o ten obrigado a partir? SGANARELLE: Nada diso, mais, dáme o nariz que..., coñezo máis ou menos o camiño que levan as cousas e sen que el me dixese nada aínda, case apostaría a que o asunto vai por aí; pode ser que me equivoque, pero ben, en tales enredos son raposo vello. GUSMÁN: ¡Como! ¿A saída imprevista non sería unha infidelidade de Don Xoán? ¿Poderíalle cometer esta inxuria ó amor casto de dona Elvira? SGANARELLE: Non, el aínda é novo e non ten o valor... GUSMÁN: ¿Cometería un home da súa condición unha acción tan covarde? SGANARELLE: ¡Ai si, a súa condición! ¡A razón diso é boa e por iso evita acontecementos! GUSMÁN: Mais os sagrados lazos do matrimonio téñeno atado. SGANARELLE: ¡Ai, meu pobre Gusmán, meu amigo, aínda non sabes, faime caso, que clase de home é Don Xoán! GUSMÁN: En verdade que eu non sei qué home pode ser, se lle cómpre facernos esta perfidia; e eu non comprendo cómo, despois de tanto amor e de tantas mostras de impaciencia, tantos obsequios presentados, de promesas, de suspiros e de lágrimas; cómo despois de tantas cartas apaixonadas, de protestas ardentes e de tantos xuramentos reiterados, tanta éxtase e ó final tantos arrebatos que parece mesmo forzar na súa paixón o obstáculo sagrado dun convento para apoderarse de dona Elvira. Non entendo, digo eu, cómo despois de todo pode te-lo valor de faltar á súa palabra. SGANARELLE: A min non me custa nada entendelo, e se coñeceses o raposeiro de meu amo verías máis clara a traidoría. Non digo que lle cambiasen os sentimentos por dona Elvira, aínda non teño a certeza diso: ti sabes que, por mandato seu, marchei antes ca el e desde a súa chegada non conversamos nada: Mais, por precaución, dígoche, inter nos, que vexas en Don Xoán, o meu amo, o maior desalmado que xamais teña dado a terra, un fanático, un can, un demo, un turco, un herexe que non cre no Ceo nin no inferno, nin en lobishome, que vive coma unha besta fera, un porco de Epicuro, un verdadeiro sardanapalo, que non fai caso ningún de tódalas advertencias que se lle poidan facer e ten por simpleza todo canto crémo-los demais. Disme que casou coa túa ama: pensa que o tería feito antes pola súa paixón, que por ela mesmo tería casado contigo, co seu can e co seu gato. Non lle custa nada contraer matrimonio. El non se serve doutras trapelas para cazar ás damas, o seu é un casar ás mancheas. Dama, doncela, burguesa, campesiña, ningunha lle é demasiado fogosa, nin demasiado fría. E se che dixese o nome de tódalas damas que desposou en diversos lugares, teriamos leria deica á noite. Semellas sorprendido e múda-la color co que che conto; isto non é máis que un bosquexo do personaxe e, para terminalo, cumprirían outras pinceladas. É abondo, cómpre que a cólera do Ceo acabe con el algún día. ¡Máis me valera servir ó demo ca a el! Faime ver tantos horrores que desexaría que se fose non sei a onde. Mais gran señor, home malvado, é unha cousa terrible. E cómpre que lle sexa fiel, mal que me pese, máis por lle ter medo que por interese, mesmo me conteño para lle dici-lo que penso del e faime chufar moitas veces o que o meu amo detesta. Velaí o vén paseando polo palacio: separémonos. Atende unha cousa: fíxenche esta confidencia abertamente e botei a lingua a pacer máis do que debera; mais se chegase algo disto ás súas orellas non dubidaría en dicir que estarías mentindo. Escena segunda DON XOÁN, SGANARELLE DON XOÁN: ¿Quen che falaba alí? Dáselleme un aire, seméllaseme a Gusmán ¿O escudeiro de dona Elvira? SGANARELLE: É a cousa máis parecida a el, desde logo. DON XOÁN: ¡Como! ¿Non será el? SGANARELLE: O mesmo. DON XOÁN: ¿E desde cando está na cidade? SGANARELLE: Desde onte á noite. DON XOÁN: ¿E que motivo o move? SGANARELLE: Creo que a vostede lle sobra sabe-lo que o pode inquietar. DON XOÁN: A nosa partida sen dúbida ningunha. SGANARELLE: O pobre home está adoecido e preguntoume o motivo da mesma. DON XOÁN: ¿E que resposta lle deches? SGANARELLE: Que vostede non me dixera nada. DON XOÁN: Entón ¿Cal é a túa opinión sobre este asunto? ¿Que pensas ti disto? SGANARELLE: Eu, eu creo, sen que lle pareza mal, que a vostede lle rolda na cabeza outro amorío. DON XOÁN: ¿Ti cres? SGANARELLE: Creo. DON XOÁN: ¡Abofé non te enganas! Recoñezo que outro amor afastou a Elvira do meu pensamento. SGANARELLE: ¡Ai! ¡Meu Deus! Ben sei eu como é o meu Don Xoán. O seu corazón é o máis aventureiro do mundo que eu coñecín, gústalle andar de gaiola en gaiola e non acouga en ningunha. DON XOÁN: Dime: ¿Non che parece que teño razón en vivir deste xeito? SGANARELLE: ¡Eh! ¡Señor! DON XOÁN: ¿Que? Di. SGANARELLE: Seguramente vostede teña razón, se o quere así, eu non lle podo leva-la contra. Mais de non o querer, mesmamente lle diría outra cousa. DON XOÁN: De acordo, es libre de falar e dicirme o que pensas. SGANARELLE: Nese caso, Señor, direille , ás claras, que non aprobo nin o máis mínimo o seu método, e que vexo moi feo ter un amorío en cada porto como fai vostede. DON XOÁN: ¿O que? ¿Ti queres que un se ate para sempre ó primeiro amor que nos prenda, que se renuncie ó mundo por el e que non haxa máis ollos para ninguén? Bonita cousa querer gabarse dun falso honor de ser fiel, enterrarse para sempre nunha paixón e morrer desde a xuventude. Non, non, a constancia non é boa máis que para as persoas parvas; tódalas mulleres teñen o dereito de nos engaiolar, e a vantaxe de ser engaiolada a primeira non debe roubarlles ás outras as xustas pretensións que todas teñen sobre os nosos corazóns. A min, a beleza marabíllame en calquera sitio que me atope, e cedo con facilidade á paixón que nos arrastra. Por máis que me comprometa o amor que teña por unha dama non compromete a miña alma para facer inxustiza ás outras; eu teño dous ollos para ve-lo mérito de todas, e réndolle a cada unha os honores e mailos tributos que nos manda a natureza. En ningún caso podo nega-lo meu corazón a tódalas mulleres fermosas que vexa, e se un bonito rostro mo pide, se tivese dez mil daríallos todos. As inclinacións que agroman, despois de todo, teñen engados inexplicables, e todo o pracer do amor está no cambio. Gózase unha dozura extrema para reducir, con cen homenaxes, o corazón dunha moza fermosa, para ver día a día os pequenos progresos que se fai, para combater con arrolos, bágoas e suspiros, o inocente pudor dunha alma á que lle dá pena rende-las armas, para forzar de vagar tódalas pequenas resistencias que nos opón, para vence-los escrúpulos dos que se honra, e levala engorde onde nós pretendemos facela vir. Mais unha vez que se é dono dela, xa non hai nada que dicir nin que desexar; acabouse todo o bo da paixón, e adormecemos na tranquilidade do tal amor, se outra nova meta non vén esperta-los nosos desexos e presentar ante o noso corazón os encantos atraentes dunha nova conquista que facer. Ben, non hai nada máis agradable ca vence-la resistencia dunha dama fermosa, e sobre iso posúo a ambición dos conquistadores que voan perpetuamente de victoria en victoria e non poden delimita-los seus desexos. Nada hai que poida dete-la impetuosidade dos meus: síntome capaz de amar toda a terra; e coma Alexandre, desexaría que houbese outros mundos para poder estender ata eles as miñas conquistas amorosas. SGANARELLE: ¡Arre demo! ¡Como perora vostede! Parece que aprendeu isto de memoria e fala todo como un libro aberto. DON XOÁN: ¿Que dirías disto? SGANARELLE: ¡Abofé que eu diría...! non sei que diría, porque vostede dálle a volta ás cousas dunha maneira que parece que ten razón; e, sen embargo, o certo é que non a ten. Tiña os mellores pensamentos do mundo pero o seu discurso confundiumo todo. Permítame: outra vez traerei os meus razoamentos por escrito para discutir con vostede. DON XOÁN: Farás ben. SGANARELLE: Mais, Señor, ¿estaría na autorización que vostede me deu, se eu lle dixese que estou un pouco escandalizado da vida que leva? DON XOÁN: ¡Como! ¿Que vida levo logo? SGANARELLE: Óptima. Mais, por exemplo, de o ver tódolos meses casar como fai vostede... DON XOÁN: ¿Hai algo máis agradable? SGANARELLE: É certo, comprendo que iso é moi agradable e moi divertido e confortaríame bastante se niso non houbese nada malo; mais, Señor, mofarse así dun sacramento, e ... DON XOÁN: ¡Boh, boh! Ese é un asunto entre o Ceo e mais eu e desensarillarémolo ben xuntos, sen que ti teñas mágoa por iso. SGANARELLE: ¡Abofé! Señor, sempre oín dicir que é unha mala fanfurriñada burlarse do Ceo, e os que se mofan del non terán nunca un bo fin. DON XOÁN: ¡Alto aí, señor babeco! Vostede sabe que lle teño dito que non me gustan os que fan advertencias. SGANARELLE: Non falo de vostede. ¡Líbreme Deus! Vostede sabe o que fai, e se vostede non cre en nada, terá as súas razóns, mais hai no mundo toleiráns que son incrédulos sen saber por qué, que se fan os descridos porque cren que iso lles acae ben; e se eu tivese un amo coma eses, diríalle ás abertas, mirándolle á cara: ¿Ten vostede a ousadía de burlarse así do Ceo e non treme mofándose como o fai das cousas máis sagradas? ¿Quen é vostede, pequeno verme de terra, esmirrado (falo co amo que dixen) para querer burlarse do que adoran o homes? Pensa que por ser nobre, por ter unha perruca loura e ben rizada, unhas plumas no seu chapeo, un traxe ben dourado e unhas fitas de color do lume (non lle falo a vostede senón ó outro), pensa, digo, que é un home máis hábil, que lle será permitido todo e que ninguén ousa dicirlle as verdades. Aprenda de min que son o seu criado, que o Ceo castiga cedo ou tarde ós impíos, e que unha mala vida trae unha mala morte, e que... DON XOÁN: ¡Abonda! SGANARELLE: ¿De que se trata? DON XOÁN: Trátase de que unha nova fermosura me apresou o corazón, e que, arrastrado polos seus encantos, a seguín ata este lugar. SGANARELLE: ¿E non teme vostede o máis mínimo, Señor, a morte daquel comendador ó que matou hai seis meses? DON XOÁN: ¿E por que ter medo? ¿Non o deixei ben morto? SGANARELLE: Ben morto, abofé que si, e estaría equivocado se se queixase. DON XOÁN: Saín perdoado dese asunto. SGANARELLE: Saíu, mais pode ser que este perdón non apagase os resentimentos dos familiares e amigos, e ... DON XOÁN: ¡Ah! Non imos pensar no mal que nos pode chegar, pensemos unicamente no que nos pode dar pracer. A persoa da que che falo é unha moza prometida, a máis agradable do mundo, que foi conducida ata aquí pola mesma persoa coa que vai casar; e o azar fíxome reparar nesta parella de amantes tres ou catro días antes da súa viaxe. Nunca vin estar dúas persoas tan contentas unha da outra, prorrompendo tantas mostras de amor. A tenrura visible da paixón compartida emocióname; golpeoume no corazón, e o meu amor comezou polos celos. Si, eu non podo soportar velos tan ben xuntos; o despeito alarma os meus desexos, e imaxinei cun pracer extremo que puidese turba-lo seu entendemento, e romper este cariño que tiña ofendida a delicadeza do meu corazón; mais, ata aquí, tódolos meus esforzos foron inútiles, e vou recorrer ó último remedio. Hoxe o esposo pretende agasallar á súa dona cun paseo polo mar. Sen che ter dito nada, preparei todo de maneira que poida satisface-lo meu amor; teño unha pequena barca e persoas coas que pretendo raptar a esta fermosura doadamente. SGANARELLE: ¡Ah! Señor... DON XOÁN: ¡Eh! SGANARELLE: Para vostede está ben e farao como cómpre. Non hai nada neste mundo como contentarse. DON XOÁN: Prepárate entón para vir comigo, ten coidado de levar ti mesmo tódalas miñas armas por se... (Repara en dona Elvira) ¡Ah! ¡que encontro inoportuno! Traidor, non me dixeras que ela tamén estaba aquí. SGANARELLE: Señor, vostede non mo preguntou. DON XOÁN: ¡Está tola, non ter cambiado o traxe e vir aquí coa vestimenta do camiño!
Escena terceira DONA ELVIRA, DON XOÁN, SGANARELLE DONA ELVIRA: ¿Faríame o favor, Don Xoán, de prestarme atención? ¿E podería volver a face cara a este lado cando lle falo? DON XOÁN: Madama, confésolle que estou sorprendido, e que non a esperaba aquí. DONA ELVIRA: Está, ben vexo que non me agardaba, e que está sorprendido; en verdade, non o esperaba doutro xeito; e a maneira en que o atopo convénceme plenamente do que rexeitaba crer. Admiro a miña inocencia e a debilidade do meu corazón ó dubidar dunha traizón que tantas aparencias me confirmaban. Fun bastante boa, confésoo, ou mais ben, bastante parva por me querer enganar a min mesma e traballar por desmenti-lo que vía e o que pensaba. Busquei razóns para dispensarlle á miña tenrura o relaxamento de amizade que vía en vostede; e inventei expresamente cen motivos lexítimos para unha saída tan precipitada, para xustificalo dun crime, do que a miña razón o acusaba. Por máis que as miñas certas sospeitas me falaban, eu rexeitaba a voz que o facía criminal ante os meus ollos, e escoitaba con pracer mil quimeras ridículas que o mostraban inocente ante o meu corazón. Mais ó final, este recibimento non me permite dubidar máis, e a mirada que me recibiu dime moito máis do que querería saber. Con todo gustaríame oír da súa boca as razóns da súa partida. Fale, Don Xoán, prégollo, e vexamos de qué maneira se sabe xustificar. DON XOÁN: Madama, velaquí está Sganarelle que sabe por qué marchei. SGANARELLE: En baixo a Don Xoán. ¿Eu? Por favor, eu non sei nada. DONA ELVIRA: ¡Ben! Sganarelle, fale. Non importa de qué boca escoite os motivos. DON XOÁN: Facendo un sinal para achegarse a Sganarelle. Veña, cóntalle logo á madama. SGANARELLE: En baixo a Don Xoán. ¿Que quere que lle diga? DONA ELVIRA: Achégate, xa que o quere así, e dime cáles foron os motivos para unha saída tan rápida. DON XOÁN: ¿Non respondes? SGANARELLE: En baixo a Don Xoán. Non teño nada que responder. Vostede estase mofando do seu servidor. DON XOÁN: Contesta. SGANARELLE: Madama... DONA ELVIRA: ¿Que? SGANARELLE: Volvéndose cara ó seu amo. Señor... DON XOÁN: Se... SGANARELLE: Madama... isto... os conquistadores, Alexandre e os outros mundos foron o motivo da nosa partida. Velaquí está, Señor, todo canto podo dicir. DONA ELVIRA: ¿Quererá vostede, Don Xoán, esclarecernos estes estraños misterios? DON XOÁN: Madama, para dicirlle a verdade... DONA ELVIRA: ¡Ah, que mal se sabe defender sendo un home de corte, que debe estar acostumado a este tipo de lances! Teño pena de verlle a confusión que ten. ¿Por que non se reviste dunha nobre desvergonza? ¿Por que non me xura que aínda non variaron os seus sentimentos por min, que aínda me segue amando cun amor sen igual e que soamente a morte o poderá separar de min? Por qué non me di qué asuntos de grande importancia o obrigaron a partir sen me avisar; que, a pesar seu, permaneceu aquí algún tempo, e que eu non teño máis que volver ó lugar do que veño, segura de que seguirá os meus pasos o máis axiña que lle sexa posible; e que é certo que arde en desexos por xuntarse comigo, e que, afastado de min, sofre o que sofre un corpo separado da súa alma. Velaquí o que lle cómpre para se defender e non quedar desconcertado como o está vostede. DON XOÁN: Recoñezo, Madama, que non teño talento para disimular, e que teño un corazón sincero. Non lle direi que sigo mantendo os mesmos sentimentos, e que desexo reunirme con vostede, xa que é boa verdade que eu non marchei mais que para fuxir de vostede, non polas razóns que poida imaxinar, senón por un puro motivo de conciencia e por non crer que puidese vivir máis tempo con vostede sen pecado. Entráronme escrúpulos, Señora, e reflexionei coa alma sobre o que estaba facendo. Pensei que para desposala a roubara da clausura dun convento e que rompera os votos que a ataban a outro mundo e que o Ceo é moi celoso en tales casos. Agarroume o arrepentimento e temín a cólera celeste. Crin que o noso matrimonio non era máis que un adulterio disfrazado, que nos traería algún castigo do Ceo, e ben debo intentar esquecela e darlle os medios para volver ós seus primeiros votos. ¿Querería opoñerse, Madama, a un pensamento tan santo, e que, reténdoa comigo, fose contra o Ceo, que por...? DONA ELVIRA: ¡Ah, infame! Agora coñézote ben, en mala hora, cando non hai remedio, e cando tal coñecemento non pode servir máis que para desesperarme. Mais sé sabedor que o teu crime non quedará impune; e que o mesmo Ceo, do que te mofas, saberá vingarme da túa perfidia. DON XOÁN: ¡Sganarelle, o Ceo! SGANARELLE: ¡Certamente, ben nos mofamos nós diso, nosoutros! DON XOÁN: Madama... DONA ELVIRA: Xa chega, non quero oír máis, mesmo me acuso de ter escoitado demasiado. É covardía escoitar impasible as ofensas; e, sobre tal asunto, un corazón nobre, á primeira palabra, debe tomar partido. Non agarde que estale en censuras e inxurias: non, non, eu non teño carraxe para exhalar insultos e todo o meu xenio resérvase para a vinganza. Dígollo outra vez, o Ceo castigarao, pérfido, pola aldraxe que me fai; e se o Ceo non ten nada que poida temer, tema cando menos a cólera dunha muller aldraxada. Ela sae SGANARELLE: Á parte. ¡Se o remordemento o puidese apresar! DON XOÁN: Despois dunha pequena reflexión. Imos pensar na execución do noso asunto amoroso. SGANARELLE: Só. ¡Ai, a que abominable amo me vexo obrigado a servir!
ACTO SEGUNDO Escena primeira CARLOTA, PERUCHO CARLOTA: ¡Virxe Santa! Perucho ¡En boa hora estiveches aló! PERUCHO: ¡Por Deus! pouco lles faltou para afogaren os dous. CARLOTA: ¿Foi logo o golpe de vento da mañá o que os tirou ó mar? PERUCHO: Mira, agarda, Carlota, vouche contar todo como aconteceu; porque como di o outro, fun o primeiro en avistalos, o primeiro en avistalos fun eu. Ben, como estaba a carón do mar co gordo do Lucas, divertiámonos brincando con terróns, lanzándoos á cabeza; porque, como ben sabes, ó gordo do Lucas gústalle brincar e eu por veces tamén xogo. Pois, estando a brincar, a xogar con iso, cando albisquei de lonxe algo que bulía na auga, e como que viña sacudíndose cara a nós. Eu vía iso claramente, e despois, de súpeto, decatábame de que non vía nada. «¡Ei, Lucas!», díxenlle eu, «penso que son homes os que nadan aló.» «Mira», díxome el, «que te enmeigaron e iso fixo que se che anubrara a vista.» «¡Por Satán!», dixen eu, «eu non teño a vista anubrada: son dous homes.» «De ningún modo», dixo el, «anubróuchese a vista.» «¿Queres apostar», díxenlle eu, «a que non teño a vista anubrada e que son dous homes os que nadan cara a aquí?» «¡Arre demo!», dixo el, «aposto a que non.» «¡Ai, si!», dixen eu, «¿queres apostar dez soldos a que si son dous homes?» «Paréceme ben», dixo el, «e para cho demostrar velaí vai o diñeiro apostado.» Eu nin toleei nin me atordei; botei con afouteza ó chan catro moedas de flor de lis e cinco soldos en moedas de cobre ¡Así eu cegue!, tan destemido como se acabase de beber un vaso de viño; porque son atrevido e vou ó que saia. Ademais sabía ben o que facía. ¡Pero, continuemos! Tan pronto como apostamos xa vimos dous homes a rentes da auga, que nos facían sinais para que fosemos axudarlles; pero antes recollín o diñeiro apostado. «Veña, Lucas», dixen eu, «ben ves que nos están chamando: andemos lixeiros para axudarlles.» «Non», díxome el, «porque eles fixéronme perder.» ¡Oh! Pois, sempre é así, para facelo máis curto, porfieille tanto que saltamos nunha barca e, cambaleándonos, sacámolos da auga e despois levámolos á casa nosa a carón do lume; logo espíronse de todo para se secaren; despois viñeron aínda outros dous da mesma banda, que se salvaran os dous sos; logo chegou alí Mathurine, a quen lle fixeron agasallos. Velaí, Carlota, como aconteceu todo. CARLOTA: ¿Non me dixeches, Perucho, que había alí un máis ben parecido cós outros? PERUCHO: Dixen, o amo. E parece ser un Cabaleiro, pois leva cuberto o seu hábito de ouro de arriba a abaixo; e os serventes mesmo serán Señores; e a pesar de ser tan gran cabaleiro abofé que afogaría de non ter estado eu alí. CARLOTA: ¡Demo non digas! PERUCHO: ¡Vaia ho, sen a nosa axuda estaríache bo! CARLOTA: ¿Aínda está espido en cas túa, Perucho? PERUCHO: Diso nada: vestírono por completo diante nosa. ¡Meu Deus! Xamais vin vestir a ninguén. ¡Que historias e que vestimenta máis estraña levaban encima estes Señores cortesáns! Eu non me podería mover dentro dela, estou pasmado de ver todo iso. Agarda, Carlota, eles teñen uns cabelos que non lles medran na cabeza; póñenos cando están vestidos, tal coma se fose unha carapucha de estopa. Levan unhas camisas que teñen unhas mangas onde poderiamos entrar ti e mais eu. No canto de calzas levan un mandil tan longo coma un día sen pan; e no canto de xibón unha camisola que case non lles chega ó estómago; e en vez de lapelas, levan un pano grande de puntillas con catro grandes borlas que lles colgan sobre o estómago; tamén levan puntillas no pulso e nunhas cousas coma embudes que traen nas pernas; e en todo iso hai lazos e mais lazos, que é unha verdadeira marabilla. Mesmo os zapatos teñen cubertos dunha punta á outra de lazos, e están feitos de tal xeito que eu rompería a caluga con eles. CARLOTA: ¡Abofé cómpre que eu vai ver iso, Perucho! PERUCHO: ¡Oh, acouga un pouco, Carlota! Téñoche que dicir outra cousa. CARLOTA: ¡Pois ben! ¿O que? PERUCHO: Mira, Carlota, cómpre que, como dixo o outro, desafogue o meu corazón. Ámote, e ti sábelo ben e sómo-los dous para sermos casados xuntos; mais, ¡arre demo!, non me tes moi satisfeito. CARLOTA: ¿O que? ¿Que che ocorre? PERUCHO: Pasa que me estás, francamente, aflixindo o espírito. CARLOTA: ¿De que maneira logo? PERUCHO: ¡Por Deus! Ti non me amas. CARLOTA: ¡Ai, ai! ¿Non é máis ca iso? PERUCHO: Certo, non é máis ca iso, pero é bastante. CARLOTA: ¡Meu Deus! Perucho, sempre me andas a dici-la mesma cousa. PERUCHO: Sempre che digo o mesmo, porque sempre é o mesmo; se non fose sempre o mesmo, non che diría sempre a mesma cousa. CARLOTA: Mais, ¿que che cómpre? ¿Que é o que queres? PERUCHO: ¡Pídoche por Deus que me queiras! CARLOTA: ¿E logo, non te quero? PERUCHO: Non, non me queres, e tamén, fago todo o que podo por iso: cómproche, sen reproche ningún, lazos a tódolos trapeiros que pasan; rompo a cabeza buscándoche niños de merlos; fago que toquen para ti os vellos cando vén o teu santo; e todo iso, coma se batese coa testa contra unha parede. Ves, o non querer ás persoas que nos queren (non é) nin bo nin honrado. CARLOTA: Mais, ¡meu Deus! Eu tamén te quero. PERUCHO: Ti non me queres de boa gana. CARLOTA: ¿Que queres, pois, que eu che faga? PERUCHO: Quero que fagas, como se fai cando se ama como é mester. CARLOTA: ¿Logo non te quero eu como cómpre? PERUCHO: Non, cando se ama de verdade, vese; e fánselles moitas bromas ás persoas, cando se lles quere de bo corazón. Mira a grosa da Tomasa como está aparvada co mozo Robain; anda sempre ó seu redor encirrándoo, e non o deixa nunca repousar; sempre lle ha de facer algunha broma ou pasarlle algunha labazada. O outro día el estaba sentado nun escano e foi tirarlle por debaixo e caeu tan grande como era ó chan. ¡Por Deus! ¡velaí se ve a xente que ama! Pero ti, ti non me dis nin unha soa palabra; quedas sempre cravada coma unha árbore e pasarei vinte veces por diante túa que ti non te moverías nin para darme un lapote, nin dicirme ningunha broma. ¡Polos cravos de Cristo! Iso non está ben e ademais es demasiado fría coas persoas. CARLOTA: ¿Que queres que lle faga? É a miña forma de ser e non podo cambiala. PERUCHO: Non hai forma de ser que valla, cando hai amizade coas persoas, sempre hai forma de mostralo, aínda que sexa pouco. CARLOTA: Pois ben, eu quéroche todo canto podo, e, se non estás contento con isto, non tes máis que buscar a outra muller. PERUCHO: Ben, ¡velaí, a miña conta! ¡Testemuña! ¿Se ti me amases, dirías iso? CARLOTA: ¿Por que me vés sempre molestar? PERUCHO: ¡Vállame Deus! ¿Que mal che fixen eu? ¡Non che pido máis que unha pouca de amizade! CARLOTA: ¡Eh, ben! Deixa de facer así e non me apures tanto. Pode ser que iso chegue de súpeto e sen pensalo. PERUCHO: ¡Dáme a man logo, Carlota! CARLOTA: ¡Veña! Tómaa. PERUCHO: Prométeme, entón, que intentarás quererme máis. CARLOTA: Farei todo o que poida, mais cómpre que iso veña por si só. Perucho ¿é ese de alí o cabaleiro? PERUCHO: É, velaí está. CARLOTA: ¡Ah, meu Deus! ¡Que galán é! ¡E sería unha mágoa que el afogase! PERUCHO: Volvo de seguida: vou beber un neto para reporme despois de tantas fatigas como tiven hoxe.
Escena segunda DON XOÁN, SGANARELLE, CARLOTA DON XOÁN: Fallóuno-lo noso golpe, Sganarelle, aquela borrasca imprevista envorcou xunto co noso barco o proxecto que tiñamos tramado; mais, se che digo a verdade, a campesiña, que acabo de deixar, reparou na mala hora, e atopeille encantos que me fixeron esquecer todo o infortunio que me causaba o terrible acontecemento. Non é preciso que escape ese corazón; xa puxen nel disposicións que non me deixarán suspirar moito tempo. SGANARELLE: Señor, recoñezo que vostede me espanta. Aínda non escapamos dun perigo de morte e, no lugar de renderlle gracias ó Ceo pola piedade que se dignou a ter de nós, vostede traballa outra vez para provoca-la súa cólera cos seus caprichos acostumados e cos seus amorosos cr... ¡A calar, que rufián é vostede! Vostede non sabe o que di, e o Señor sabe o que está a facer. Veña. DON XOÁN: Reparando na presencia de Carlota. ¡Ah! ¡Ah! ¿De onde sae estoutra campesiña, Sganarelle? ¿Viches ti nada máis bonito? ¿Non che parece, dime, que vale tanto coma a outra? SGANARELLE: Certamente. Outra nova chanza. DON XOÁN: ¿A que se debe, fermosa señora, tan grato encontro? ¿Como? ¿Nestes lugares campestres, entre as árbores e as rochas, pódense atopar mulleres tan fermosas coma vostede? CARLOTA: Vostede ve, Señor DON XOÁN: ¿É vostede desta aldea? CARLOTA: Son, Señor. DON XOÁN: ¿E vive aquí? CARLOTA: Vivo, Señor. DON XOÁN: ¿Como se chama? CARLOTA: Carlota, para servilo. DON XOÁN: ¡Ah, fermosa é a moza e penetrantes os seus ollos! CARLOTA: Señor, faime sentir moita vergonza. DON XOÁN: ¡Ah! Non hai que se avergonzar por escoitar dici-las verdades. Sganarelle, ¿Ti que dis? ¿Pódese ver maior fermosura? Xírese un pouco, se lle prace. ¡Ah! ¡Que linda é esta figura! Levante un pouco a cabeza, por favor. ¡Ah! ¡Que xeitosa é esta cara! Abra ben os ollos. ¡Ah! ¡Que fermosos son! Móstreme os dentes, prégollo. ¡Ah! ¡Que amorosos son, e que beizos apetitosos! Para min, estou marabillado e nunca teño visto muller tan encantadora. CARLOTA: Señor, compráceme con dicirme iso, e non sei se será para burlarse de min. DON XOÁN: ¿Burlarme eu de vostede? ¡Deus me libre! Ámoa moito e fálolle coa alma na boca. CARLOTA: Sendo así, estoulle ben agradecida. DON XOÁN: Diso nada, vostede non me agradeza todo o que digo; unicamente lle é debedora á súa beleza. CARLOTA: Señor, todo iso paréceme que está moi ben, e eu non teño enxeño para lle responder. DON XOÁN: Sganarelle, observa as súas mans. CARLOTA: ¡Puf! Señor, son negras coma non sei qué. DON XOÁN: ¡Ah! ¿Que di? Son as máis bonitas do mundo; permita que llas bique, prégollo. CARLOTA: Señor, vostede faime demasiado honor, e de telo sabido antes non deixaría de lavalas con farelo. DON XOÁN: ¿Dígame, fermosa Carlota, acaso vostede non estará casada? CARLOTA: Non, Señor; mais axiña o estarei con Perucho, o fillo da Simona, a veciña. DON XOÁN: ¿O que? ¿Unha muller coma vostede será a muller dun simple campesiño? Non, non, iso é profanar tanta fermosura, e vostede non naceu para permanecer nesta aldea. Vostede merece, sen dúbida ningunha, mellor sorte, e o Ceo que o sabe ben, conduciume aquí adrede para impedir este matrimonio, e render xustiza ós seus encantos; pois á fin, fermosa Carlota, eu ámoa de todo corazón, e só dependerá de vostede que a leve deste miserable lugar, e metela no lugar onde merece estar. Certamente, este amor é ben repentino, ¡mais que! É o efecto, Carlota, da súa gran beleza, e un pódoa amar tanto nun cuarto de hora como outro a amaría en seis meses. CARLOTA: É ben certo, Señor, que non sei cómo facer cando fala. Agrádame o que vostede di, e gustaríame crelo, mais sempre me dixeron que nunca se pode crer ós Cabaleiros, e que vostedes, os cortesáns, son uns enredantes, que non pensan máis que en abusar das raparigas. DON XOÁN: Eu non son dese tipo de persoas. SGANARELLE: Non teña coidado. CARLOTA: Pense, Señor, que é moi desagradable deixar abusar dun. Eu son unha pobre campesiña, mais teño en grande estima o honor, e antes preferiría verme morta que deshonrada. DON XOÁN: ¿Tería eu a alma tan malvada como para abusar dunha muller coma vostede? ¿Sería tan covarde para aldraxala? Non, non, tería remorsos de consciencia. Eu ámoa, Carlota, con ben e con honor; e para demostrarlle que lle digo a verdade, saiba que non teño outra intención máis que casar con vostede: ¿Quere un maior testemuño diso? Velaquí me ten preparado para cando vostede queira; e velaí está o home que tomo como testemuña da palabra que lle dei. SGANARELLE: Non, non tema: el casará con vostede tantas veces como vostede queira. DON XOÁN: ¡Ai, Carlota! Eu ben vexo que vostede aínda non me coñece. Vostede está moi equivocada xulgándome polos outros; e se hai xentalla no mundo, homes que non buscan máis que abusar das mociñas, vostede débeme quitar de entre eles e non debe dubidar da sinceridade da miña fidelidade. E ademais a súa fermosura garántelle todo. Cando se é ben feita como é vostede, débese estar ó cuberto de todo este tipo de temores; créame, vostede non ten o aspecto dunha persoa da que se abuse; e polo que a min respecta, recoñezo que furaría o corazón con mil puñaladas se tivese a máis mínima idea de a enganar. CARLOTA: ¡Meu Deus! Non sei se di a verdade ou non; mais vostede fai que unha o crea. DON XOÁN: Cando vostede me crea, seguramente me fará xustiza, e eu reitérolle aínda a promesa que lle fixen. ¿Seica non o acepta e non consente en se-la miña muller? CARLOTA: Acepto, con tal que a miña tía o queira. DON XOÁN: Logo déame a man, Carlota, xa que pola súa parte o quere. CARLOTA: Máis ou menos, Señor; non me vaia enganar, prégollo: sería un cargo de consciencia para vostede, e vostede ve como eu vou de boa fe. DON XOÁN: ¿Como? ¡Parece que dubida aínda da miña sinceridade! ¿Quere que pronuncie xuramentos espantosos? Que o Ceo... CARLOTA: ¡Meu Deus! Non xure, eu créoo. DON XOÁN: Déame, pois, un biquiño como garante da súa palabra. CARLOTA: ¡Oh! Señor, agarde a que esteamos casados, prégollo; despois diso bicareino tanto como queira. DON XOÁN: ¡Ah, ben! Bela Carlota, quero todo o que vostede queira; déame soamente a súa man e permítame que, con mil bicos, lle exprese o arroubo no que estou...
Escena terceira DON XOÁN, SGANARELLE, PERUCHO, CARLOTA PERUCHO: Meténdose entre os dous e apartando a Don Xoán. Máis a modo, Señor, contéñase, por favor. Vostede acalórase demasiado e podería apañar a pleurite. DON XOÁN: Empurrando con rudeza a Perucho. ¿Quen me trae a este impertinente? PERUCHO: Dígolle que se conteña e que non acaricie ás nosas noivas. DON XOÁN: Continúa a empurralo. ¡Ah, canto barullo! PERUCHO: ¡Vállate xudas! Non é así como hai que empuxa-la xente. CARLOTA: Agarrando a Perucho polo brazo. Déixallo facer logo, Perucho PERUCHO: ¿Como? ¿Que llo deixe facer? Eu non quero. DON XOÁN: ¡Ah! PERUCHO: ¡Arre Demo! ¿Porque vostede sexa cabaleiro ha de vir acariñárno-las mulleres nos nosos fociños? Vaian vostedes acariña-las súas. DON XOÁN: ¡Eh! PERUCHO: ¡Ora! Don Xoán dálle unha labazada. ¡Por Deus! Non me pegue máis. Outra labazada. ¡Oh! ¡Lévete o demo! Outra labazada. ¡Vállate Xudas! Outra labazada. ¡Vaite demo! ¡Mal haxa! Non está ben pegarlle á xente e esta non é a recompensa por telo salvado de afogar. CARLOTA: Non te enfades, Perucho. PERUCHO: ¿Como non me vou enfadar? Estás aparvada por soportar que te engaiole. CARLOTA: ¡Oh! Perucho, non é o que ti pensas. Este cabaleiro quere esposarme, e ti non te debes enfadar por iso. PERUCHO: ¿Como? ¡Así paga o demo a quen o serve! Ti e-la miña prometida. CARLOTA: Iso non importa, Perucho. ¿Se ti me amas non deberías estar contento de que eu chegue a ser Madama? PERUCHO: ¡Demo non digas! Non. Prefiro verte rebentada antes ca verte con outro. CARLOTA: Anda, anda, Perucho, non te desgustes: de ser eu Madama fareiche gañar algunha cousa, traerasnos manteiga e queixo á nosa casa. PERUCHO: ¡Vaite demo! Nunca levarei nada, nin que me pagasedes por iso dúas veces outro tanto. ¿É así logo como escóita-lo que el che di? ¡Arre demo! De sabelo esta tarde non o sacaría da auga e daríalle un bo golpe co remo na cabeza. DON XOÁN: Achegándose a Perucho para pegarlle. ¿Que di vostede? PERUCHO: Afastándose por detrás de Carlota. ¡Así eu cegue! Eu non temo a ninguén. DON XOÁN: Pasa ó pé de onde estaba Perucho. Aténdeme un pouco. PERUCHO: Volve pasar outra vez ó outro lado de Carlota. Eu mófome de todo. DON XOÁN: Corre detrás de Perucho. Vexámolo. PERUCHO: Sálvase outra vez detrás de Carlota. Xa me teño visto noutras semellantes. DON XOÁN: ¿Non me digas? SGANARELLE: ¡Ei! Señor, deixe a este pobre malpocado. ¿Non se decata de que non é máis que un coitado campesiño? Escoita, meu pobre rapaz, marcha e non lle digas nada. PERUCHO: Pasa diante Sganarelle e dille feramente a Don Xoán: ¡Quérolle eu dicir! DON XOÁN: Levanta a man para darlle unha labazada a Perucho, que baixa a cabeza, e Sganarelle recibe o lapote. ¡Ai! Eu lle aprenderei. SGANARELLE: Mirando a Perucho que se agachou para evita-lo lapote. ¡Leve o demo ó miserable! DON XOÁN: Velaí che pagou a túa caridade. PERUCHO: ¡Vállate Xudas! Voulle contar á súa tía toda esta maraña. DON XOÁN: Ben, vou se-lo home máis feliz de tógolos homes, e non cambiaría a miña felicidade por tódalas cousas do mundo. ¡Cantos praceres cando vostede sexa a miña muller! E cantos...
Escena cuarta DON XOÁN, SGANARELLE, CARLOTA, MATHURINE SGANARELLE: Decatándose da presencia de Mathurine. ¡Ai! ¡Ai! MATHURINE: A Don Xoán. ¿Que fai logo vostede aí con Carlota? ¿Fálalle de amor tamén? DON XOÁN: A Mathurine. Non, ó contrario, é ela quen me confesaba o desexo de se-la miña muller, e eu respondinlle que estaba comprometido con vostede. CARLOTA: ¿Que é logo o que vostede quere Mathurine? DON XOÁN: A Carlota. Ela está celosa de me ver falarlle, e gustaríalle que a desposase; mais eu díxenlle que é vostede a quen eu quero. MATHURINE: ¿O que? Carlota. DON XOÁN: En baixo a Mathurine. Todo canto lle diga será inútil; metéuselle iso na cabeza. CARLOTA: ¡Que pasa logo, Mathurine! DON XOÁN: En baixo a Carlota. É inútil o que lle diga; non lle sacará esta fantasía. MATHURINE: ¿Que...? DON XOÁN: En baixo a Mathurine. Non hai forma de facela entrar en razón. CARLOTA: Eu quería... DON XOÁN: En baixo a Carlota. ¡É obstinada coma o demo! MATHURINE: En verdade... DON XOÁN: En baixo a Mathurine. Non lle digas nada, está tola. CARLOTA: Eu penso... DON XOÁN: En baixo a Carlota. Déixea, é moi rara. MATHURINE: Non, non, cómpre que eu lle fale. CARLOTA: Eu quero escoita-las súas razóns. MATHURINE: ¿O que? DON XOÁN: En baixo a Mathurine. Aposto a que ela lle vai dicir que eu lle prometín desposala. CARLOTA: Eu... DON XOÁN: En baixo a Carlota. Apostemos a que ela lle sostén que lle dei palabra de tomala por muller. MATHURINE: ¡Alto, Carlota! Non está ben correr no mercado dos outros. CARLOTA: Non é honesto, Mathurine, estar celosa de que un cabaleiro me fale. MATHURINE: Son eu á quen viu primeiro o Cabaleiro. CARLOTA: Se a viu a primeira, viume a min a segunda e prometeume desposarme. DON XOÁN: En baixo a Mathurine. ¡Eh, ben! ¿Que lle dixen? MATHURINE: Non quero cre-lo que me di, son eu e non vostede a quen lle prometeu desposala. DON XOÁN: En baixo a Carlota. ¿Non o adiviñei? CARLOTA: Vaia a outra parte co engano, prégollo; dígolle que son eu. MATHURINE: Vostede mófase da xente; vólvolle repetir que son eu. CARLOTA: Velaquí o está para dicir se eu non teño razón. MATHURINE: Velaquí o está para desdicir se non é verdade o que digo. CARLOTA: ¿Prometeulle vostede, Señor, desposala? DON XOÁN: En baixo a Carlota. Vostede búrlase de min. MATHURINE: ¿É certo, Señor, que vostede lle deu palabra de se-lo seu marido? DON XOÁN: En baixo a Mathurine. ¿Pode ter vostede este pensamento? CARLOTA: Vostede ve que o nega. DON XOÁN: En baixo a Carlota. Déixea falar. MATHURINE: Vostede é testemuña de como o asegura. DON XOÁN: En baixo a Mathurine. Déixea dicir. CARLOTA: Non, non, cómpre sabe-la verdade. MATHURINE: É preciso xulgar isto. CARLOTA: Certo, Mathurine, quero que o cabaleiro lle mostre que está equivocada. MATHURINE: En verdade, Carlota, quero que o cabaleiro lle faga desistir das súas pretensións. CARLOTA: Señor, resolva o preito, por favor. MATHURINE: Póñanos de acordo, Señor. CARLOTA: A Mathurine. Agora verá. MATHURINE: A Carlota. Vaino ver vostede mesma CARLOTA: A Don Xoán. Diga. MATHURINE: A Don Xoán. Fale. DON XOÁN: Embarazado, dilles ás dúas. ¿Que queren que lles diga? Vostedes sosteñen as dúas por igual que lles prometín tomalas por esposas. ¿Logo non sabe cada unha das dúas quen é sen que sexa necesario que me explique máis? ¿Por que obrigarme a repeticións sobre isto? ¿Aquela á que efectivamente llo prometín non pode rir do discurso da outra, e debe ela aflixirse con tal que eu cumpra a miña promesa? Os discursos non avanzan as cousas; cómpre facer e non dicir, e os resultados deciden mellor cás palabras. Tampouco axudaría nada para poñelas de acordo niso, e verase cando eu case, cal das dúas está no meu corazón. (En baixo a Mathurine.) Déixea cre-lo que queira. (En baixo a Carlota.) Déixea congratularse na súa imaxinación. (En baixo a Mathurine.) Adóroa. (En baixo a Carlota.) Son todo seu. (En baixo a Mathurine.) Tódalas caras son feas ó pé da súa. (En baixo a Carlota.) Un xa non pode aturar ás outras cando a viu a vostede. Teño que dar unha pequena orde, volvo onda vostedes dentro dun cuarto de hora. CARLOTA: A Mathurine. Cando menos son eu a que ama. MATHURINE: Son eu a que desposará. SGANARELLE: ¡Ah! Pobres mociñas que sodes, teño piedade da vosa inocencia e non podo sufrir por vervos correr á vosa perdición. Crédeme. Unha e a outra: non vos entreteñades cos contos que vos diga e permanecede na vosa aldea. DON XOÁN: Volvendo. Gustaríame saber por qué non me seguiu Sganarelle. SGANARELLE: O meu amo é un canalla, só ten a intención de abusar de vostedes, como abusou doutras; é o esposo do xénero humano, e ... (Repara en Don Xoán.) Iso é falso; e a calquera que vos dixese iso, debedes dicirlle que mentiu niso. O meu amo non é o marido do xénero humano, el non é canalla, el non ten a intención de enganalas, e non abusou doutras. ¡Ah! Velaquí o tedes; preguntádello mellor a el mesmo. DON XOÁN: ¿O que? SGANARELLE: Señor, como o mundo está cheo de detractores, eu vou diante dos acontecementos; e dicíalles que, se alguén lles viña falar mal de vostede, que non llo cresen, e que non deixasen de dicirlle que mentiría. DON XOÁN: Sganarelle. SGANARELLE: Certo, o Señor é un cabaleiro, eu garántoo como tal. DON XOÁN: ¡Oh! SGANARELLE: Son uns impertinentes.
Escena quinta DON XOÁN, A RAMÉE, CARLOTA, MATHURINE, SGANARELLE A RAMÉE: Señor, véñolle dicir que as cousas non andan ben aquí para vostede. DON XOÁN: ¿Como? A RAMÉE: Búscano doce homes a cabalo, que chegarán aquí nun momento; non sei por qué motivo o poden ter seguido; mais escoitei esta noticia dun campesiño que eles interrogaron e ó que eles o describiron. O asunto apura, e o mellor será saír de aquí canto antes. DON XOÁN: A Carlota e a Mathurine. Un asunto urxente obrígame a marchar de aquí; mais, prégolles que recorden a palabra que lles dei e que crean que terán noticias miñas antes de mañá á tarde. (Carlota e Mathurine afástanse.) Como a partida non é igual cómpre usar unha estratexia, e eludir destramente o infortunio que me busca. Quero que Sganarelle se vista coa miña roupa, e eu... SGANARELLE: Señor, vostede mófase de min. Expoñerme a ser matado baixo o seu hábito, e ... DON XOÁN: ¡Veña, axiña! É moito honor o que eu lle fago, e ditoso é o criado que pode te-la gloria de morrer polo seu amo. SGANARELLE: Agradézolle o tal honor. ¡Oh Ceo, xa que se trata de morte, concédeme a gracia de non ser tomado por outro!
ACTO TERCEIRO Escena primeira DON XOÁN, con roupa de viaxe, SGANARELLE, vestido de médico. SGANARELLE: Abofé, Señor, recoñezo que tiven razón, e velaí un e outro disfrazados de tal xeito que é unha marabilla. A súa primeira intención non era para nada apropiada, e deste xeito camuflámonos mellor que como que vostede quería facer. DON XOÁN: É certo que che acae ben, e non sei de onde desenterraches estas indumentarias ridículas. SGANARELLE: ¿Non me diga? Pois é o hábito dun vello médico, que o deixou empeñado no lugar onde eu o collín, e para telo custoume os seus cartiños. Mais ¿sabía, Señor, que este hábito xa me dá certa consideración, que me saúdan as persoas que me atopan e que me veñen consultar como se fose un sabio? DON XOÁN: ¿E logo como? SGANARELLE: Cinco ou seis campesiños e campesiñas, ó verme pasar, viñéronme pregunta-lo meu parecer sobre diferentes doenzas. DON XOÁN: ¿Non lles respondiches que non entendías nada? SGANARELLE: ¿Eu? Diso nada. Quixen defende-lo honor da miña indumentaria. Razoei a cerca do seu mal, e a cada un fíxenlle a súa receita. DON XOÁN: ¿E logo que lles receitaches? SGANARELLE: ¡Abofé! Señor, agarrei por onde puiden coller; fixen as miñas receitas ó chou, e sería unha cousa graciosa se os enfermos sandasen e que mo viñesen agradecer. DON XOÁN: ¿E por que non? ¿Por que razón non terías ti os mesmos privilexios cós outros médicos? Eles non teñen máis parte ca ti nas curas dos enfermos, e toda a súa arte é pura careta. Non fan máis que recibi-la gloria dos éxitos felices e ti podes gozar coma eles da boa hora do enfermo, e ver de atribuír ós teus remedios todo o que pode vir dos favores do azar e das forzas da natureza. SGANARELLE: ¿Como, Señor, tamén en medicina é impío? DON XOÁN: É un dos grandes erros que hai entre os homes. SGANARELLE: ¡Que! ¿Non cre na sene, nin na casia, nin no viño emético? DON XOÁN: ¿E por que queres que crea? SGANARELLE: Vostede é ben incrédulo. Sen embargo vostede ve que desde hai un tempo o viño emético fai murmura-los fusos. Os seus milagres teñen convertido os espíritos máis incrédulos, e o que lle está a falar non hai nin tres semanas que viu un efecto marabilloso. DON XOÁN: ¿Logo cal? SGANARELLE: Había un home que estaba agonizando desde había seis días; ninguén sabía que receitarlle, e non lle daban ningún remedio, e por fin alguén mandou darlle viño emético. DON XOÁN: E sálvase, ¿non é? SGANARELLE: Non, morreu. DON XOÁN: O efecto é admirable. SGANARELLE: ¿Como? Había seis días enteiros que non podía morrer e iso rematouno dunha vez. ¿Quere vostede algo máis eficaz? DON XOÁN: Tes razón. SGANARELLE: Mais deixémo-la medicina, na que vostede non cre, e falemos doutras cousas, porque este hábito dáme folgos e síntome con humor de discutir con vostede. Ben sabe que me permite as disputas e que unicamente me prohibe as censuras. DON XOÁN: ¿Eh, ben? SGANARELLE: Quero saber un pouco os seus pensamentos a fondo. ¿É posible que non crea para nada no Ceo? DON XOÁN: Deixemos iso. SGANARELLE: Isto é, que non. ¿E no inferno? DON XOÁN: ¡Eh! SGANARELLE: O mesmo. ¿E no demo? Por favor. DON XOÁN: Si, si. SGANARELLE: Tampouco. ¿Non cre na outra vida? DON XOÁN: ¡Ah! ¡ah! ¡ah! SGANARELLE: Velaí un home que me custará traballo convertelo. E dígame ¿nos trasgos? ¿Cre vostede nos trasgos? ¡Eh! DON XOÁN: ¡Arre demo, o fatuo! SGANARELLE: Velaí o que eu non podo aguantar, porque non hai nada máis certo cós trasgos, e eu faríame aforcar por eles. Mais, cómpre crer nalgunha cousa deste mundo ¿Que opina vostede? DON XOÁN: ¿Que creo eu? SGANARELLE: Claro. DON XOÁN: Creo que dous e dous son catro, Sganarelle, e que catro e catro son oito. SGANARELLE: ¡Velaí a fermosa crenza e os bos artigos de fe! Polo que vexo, a súa relixión é a aritmética. Cómpre recoñecer que se meten estrañas loucuras na cabeza dos homes, e que por ter estudiado moito, moitas veces un é menos sabio. Pola miña parte, Señor, non estudiei coma vostede, gracias a Deus, e ninguén poderá gabarse de me ter aprendido nunca nada; mais co meu escaso sentido e co meu pouco entendemento, vexo as cousas mellor que en tódolos libros, e comprendo moi ben que este mundo que vemos non é un cogomelo que medrase el só nunha noite. Gustaríame preguntarlle quén fixo estas árbores, estas rochas, esta terra e este Ceo, que velaí o está arriba, e que se todo isto se fixo a si mesmo. Isto é, vostede, por exemplo, vostede está aí: ¿Fíxose vostede só e non fixo falta que seu pai empreñase a súa nai para facelo? ¿Pode vostede contemplar tódolos inventos que compoñen a máquina do home sen admirar de que maneira está disposto un despois do outro? Os nervios, os ósos, as veas, as arterias, as... o pulmón, o corazón, o fígado e tódolos outros ingredientes que están nel e que... ¡Oh! Ora, interrómpame, se vostede quere. Non sabería discutir se non me interrompen. Vostede cala adrede, e déixame falar por pura malicia. DON XOÁN: Eu espero que acábe-lo teu razoamento. SGANARELLE: O meu razoamento, por máis que vostede poida dicir, hai algo de admirable no home, que tódolos sabios non saberían explicar. ¿Non é marabilloso que estea aquí, e que teña cousas na cabeza, e que pense cen cousas diferentes nun momento, e que faga co meu corpo todo o que queira? Quero aplaudir, ergue-lo brazo, alza-la vista ó Ceo, baixa-la cabeza, move-los pés, ir á dereita, á esquerda, adiante, atrás, xirar ... Déixase caer ás vorcalladas. DON XOÁN: ¡Ben! Velaí o teu razoamento que deu de fociños no chan. SGANARELLE: ¡Vaite demo! Son ben parvo por perde-lo tempo razoando con vostede. Crea o que queira: ¡Impórtalleme ben pouco que se condene! DON XOÁN: Mais, razoando, razoando, penso que nos extraviamos. Velaí abaixo está un home, chámao para preguntarlle o camiño. SGANARELLE: ¡Ola, ho, home! ¡Ei, meu compadre! ¡Ho, amigo! Agarde un bocadiño, por favor.
Escena segunda DON XOÁN, SGANARELLE, UN POBRE SGANARELLE: Móstreno-lo camiño que nos leve á cidade. O POBRE: Só teñen que seguir esta rota, Señores, e, en chegando ó final da fraga, viren á dereita. Mais avísolles que deben ter coidado, xa que desde hai algún tempo andan ladróns pola contorna. DON XOÁN: Estouche ben agradecido, meu amigo, e douche as gracias de todo corazón. O POBRE: Se quixese, Señor, socorrerme con algunha esmola. DON XOÁN: ¡Xa, xa! Polo que vexo, o teu aviso é interesado. O POBRE: Eu son un pobre home, Señor, retirado neste bosque desde hai dez anos, e non deixarei de lle pregar ó Ceo para que lle dea toda clase de bens. DON XOÁN: ¡Eh! Pídelle que che dea roupa sen preocuparte dos asuntos dos outros. SGANARELLE: Vostede non coñece o Cabaleiro, home de ben, el só cre que dous e dous son catro e que catro e catro son oito. DON XOÁN: ¿A que te dedicas entre estas árbores? O POBRE: Pregarlle ó Ceo todo o día pola prosperidade das persoas de ben que me dean algunha cousa. DON XOÁN: ¿E como é posible que non esteas contento? O POBRE: ¡Ai! Señor, eu vivo na maior pobreza do mundo. DON XOÁN: Ti búrlaste: un home que lle prega ó Ceo todo o día, qué lle pode faltar para estar ben nos seus quefaceres. O POBRE: Asegúrolle, Señor, que a maior parte das veces non teño nin un anaco de pan que levar á boca. DON XOÁN: Velaí que é ben estraño, e ben mal recoñecido es polos teus desvelos. ¡Ai, ai! Agora mesmo che vou dar un luís de ouro, con tal que ti queiras blasfemar. O POBRE: ¡Ai, Señor! ¿Querería vostede que cometese tal pecado? DON XOÁN: Ti verás se queres gañar un luís de ouro ou non: velaquí un que che dou se xuras. Toma: cómpre xurar. O POBRE: Señor... DON XOÁN: A menos diso, non o terás. SGANARELLE: ¡Boh, Boh! Xura un pouco, non é mal ningún. DON XOÁN: Toma, velaí o tes, dígoche que o collas, mais xura xa. O POBRE: Non, Señor, prefiro morrer de fame. DON XOÁN: ¡Boh, boh! Eu doucho por amor á humanidade. Mais ¿que vexo alí? ¿Un home atacado por outros tres? A partida é desigual e non podo sufrir esta covardía.
Escena terceira DON XOÁN, DON CARLOS, SGANARELLE SGANARELLE: O meu amo é un temerario por presentarse a un perigo que non o busca; mais ¡abofé! A axuda serviu e entre os dous fixeron fuxir ós tres. DON CARLOS: Coa espada na man. Vese, pola fuxida deses ladróns, de qué socorro é o seu brazo. Permítame, Señor, que lle dea as gracias por unha acción tan xenerosa e que ... DON XOÁN: Volvendo te-la espada na man. Non fixen nada, Señor, que non fixese vostede no meu lugar. O noso propio honor está interesado en aventuras semellantes, e a acción daqueles malandríns era tan covarde que tiven que tomar parte, que senón sería opoñerse. Mais, ¿por que motivo se atopou nas súas mans? DON CARLOS: Extravieime por casualidade dun irmán e de tódalas persoas que nos acompañaban; e como os buscaba para reunirme con eles, encontrei a estes ladróns, que primeiro mataron o meu cabalo, e que, sen o seu valor, terían feito outro tanto comigo. DON XOÁN: ¿A súa intención é ir cerca da cidade? DON CARLOS: É, mais sen poder entrar nela; nosoutros, o meu irmán e mais eu, vémonos obrigados a permanecer no campo por un deses deplorables acontecementos, que reducen ós cabaleiros a sacrificarse, eles e a súa familia, pola severidade do seu honor; xa que calquera que sexa o desenlace non será senón funesto, e que se un non perde a vida está obrigado a marchar do reino; e nisto encontro eu a desafortunada condición dun nobre, por non poder salvarse por toda a prudencia e toda a honestidade da súa conducta, de ser escravizado polas leis do honor, pola falta de sentido, e por dependeren a súa vida, o seu sosego e os seus bens do capricho do primeiro temerario que considera facerlle unha destas inxurias polas que un cabaleiro debe morrer. DON XOÁN: Un ten a vantaxe de facer corre-lo mesmo perigo e sufri-las mesmas calamidades a aqueles que por capricho nos veñen facer unha ofensa deliberada. Mais, ¿sería unha indiscreción se lle preguntase cal puido se-la súa afronta? DON CARLOS: As cousas chegaron a tal punto que xa non se pode garda-lo segredo, e cando a inxuria se fixo pública, o noso honor non vai querer esconde-la nosa vergonza, mais si prorrompe-la nosa vinganza, e mesmo facer público o desexo que temos de vingarnos. Deste xeito, Cabaleiro, non finxirei para dicirlle que a ofensa que nós queremos vingar é a dunha irmá seducida e sacada dun convento, e que o autor desta ofensa é un tal Don Xoán Tenorio, fillo de Don Lois Tenorio. Andámolo buscando desde hai algúns días e seguímolo esta mañá, pola información dun campesiño que nos dixo que saíra a cabalo, acompañado de catro ou cinco, e que collera ó longo desta costa; pero tódolos nosos esforzos foron inútiles, e non puidemos descubrir onde se desviou. DON XOÁN: ¿Coñece vostede, Cabaleiro, a ese Don Xoán do que fala? DON CARLOS: Polo que a min respecta non, nunca o vin, unicamente llo teño oído describir a meu irmán; mais a súa reputación non é moi boa, é un home a quen a vida ... DON XOÁN: Detéñase, Cabaleiro, por favor. É un dos poucos amigos meus, e sería unha especie de covardía pola miña parte escoitar falar mal del. DON CARLOS: Por amor seu, Señor, non direi absolutamente nada; é o menos que debo facer despois de me ter salvado a vida, non falar diante súa dunha persoa que vostede coñece, cando eu non podo falar sen dicir mal dela; mais, por moi amigo que lle sexa, atrévome a agardar que non aprobe a súa acción, e non encontre estraño que procuremos vingarnos. DON XOÁN: Ó contrario, quero axudarlle niso evitándolle desvelos inútiles. Eu son amigo de Don Xoán e non o podo impedir; mais, non é razoable que ofenda impunemente a uns cabaleiros, e comprométome a facer que lles dea satisfacción por tal afronta. DON CARLOS: ¿E que satisfacción se pode dar a tan grande inxuria? DON XOÁN: Todas cantas o seu honor poida desexar; e, sen que vos mereza a pena buscar a Don Xoán máis, véxome obrigado a que o encontre no lugar que vostede queira e cando lle praza. DON CARLOS: Esta esperanza é moi agradable, Señor, para uns corazóns ofendidos; mais, despois do que lle debo, sería unha grand dor que loitase da súa parte. DON XOÁN: Estou tan unido a Don Xoán que non sabería loitar non sendo que loite eu tamén; mais, ó final, respondo del como se fose de min mesmo, e vostede non ten máis que dicir cándo quere que apareza e que lles dea satisfacción. DON CARLOS: ¡Que cruel é o meu destino! ¡Cómpre que lle deba a vida e que Don Xoán sexa un dos seus amigos!
Escena cuarta DON ALONSO e tres serventes, DON CARLOS, DON XOÁN, SGANARELLE. DON ALONSO: Fai beber aí os cabalos e que nolos traian despois, quero camiñar un pouco a pé. ¡léveme non o diaño! ¿Que vexo aquí? ¡Como, irmán meu! ¡Velaí está vostede co noso inimigo mortal! DON CARLOS: ¿ O noso inimigo mortal? DON XOÁN: Recuando tres pasos e levando, feramente, a man á empuñadura da súa espada. Certo, son eu Don Xoán, o mesmo. A vantaxe numérica non me obrigará a querer esconde-lo meu nome. DON ALONSO: ¡Ah, traidor! Cómpre que morras, e ... DON CARLOS: ¡Ah! ¡detéñase, irmán meu! Débolle a vida; sen a axuda do seu brazo mataríanme uns ladróns cos que atopei. DON ALONSO: ¿E quere que este feito impida a nosa vinganza? Tódolos favores que nos ofrece unha man inimiga non teñen mérito ningún para obriga-la nosa alma, e se cómpre medi-la obriga coa inxuria, a nosa gratitude aquí, irmán meu, é ridícula; e como o honor é infinitamente máis apreciado cá vida, deberlle a vida a quen nos quitou o honor é non deber nada. DON CALOS: Sei a diferencia, irmán meu, que un cabaleiro debe establecer sempre entre unha e outra, e o recoñecemento da obriga non suplanta en min o resentimento da inxuria; mais permita que lle dea aquí o que me prestou, e que lle devolva o favor da vida que lle debo, aprazando a nosa vinganza, e que lle deixe a liberdade de gozar, durante algún tempo, do froito da súa boa acción. DON ALONSO: Non, non; é arriscado apraza-la nosa vinganza, e a ocasión de tomala pode que nunca chegue. O Ceo ofrécenola agora, e debemos aproveitala. Cando o honor está ferido mortalmente, non se debe pensar en tomar ningunha medida; e se lle ofende presta-lo seu brazo para esta acción, só ten que retirarse e deixar na miña man a gloria de tal sacrificio. DON CARLOS: Por favor, irmán meu ... DON ALONSO: Sobran tódolos discursos, é preciso que morra. DON CARLOS: Dígolle que se deteña, irmán meu. Non permitirei que se lle quite a vida, e xuro polo Ceo que o defenderei contra o que sexa, e saberei facerlle unha muralla coa miña propia vida que el salvou, e para ferilo, cumprirá que me fure coa espada a min primeiro. DON ALONSO: ¡Como! ¿Defende ó noso inimigo contra min, e lonxe de mostra-los meus mesmos arrebatos que causa a súa persoa, fai ver por el sentimentos cheos de dozura? DON CARLOS: Irmán meu, mostremos moderación nunha acción lexítima e non vinguémo-lo noso honor coa ira que vostede mostra. Vaiamos coa coraxe da que somos amos, un valor que non teña nada de ferocidade, e que se comporte ante as cousas por pura deliberación da nosa razón, e non polo arrebato dunha cólera cega; eu non quero, irmán meu, permanecer en débeda co noso inimigo, teño unha obriga con el que é preciso que cumpra por enriba de tódalas cousas. A nosa vinganza, por ser aprazada, non será menos célebre, ó contrario, sairá beneficiada; e esta ocasión de a ter podido tomar faraa parecer máis xusta ante os ollos de todo o mundo. DON ALONSO: ¡Oh, estraña debilidade, e pavorosa cegueira arriscar así o interese do noso honor pola ridícula idea dunha obriga quimérica! DON CARLOS: Non, non se apesare, irmán meu. Se cometo unha falta, sabereina reparar ben, encargareime eu do coidado do noso honor, sei ó que nos obriga, e esta interrupción dun día, que lle pide a miña gratitude, non fará senón aumenta-lo ardor que teño de satisfacelo. Don Xoán, vostede ve que necesito devolverlle o favor que me prestou, debe por iso xulga-lo resto, crer que me desquito co mesmo ardor do que debo, e que non serei menos estricto en lle paga-la inxuria cá débeda. Non quero obrigalo a explicar aquí os seus propósitos e doulle a liberdade de pensar con tempo nas resolucións que ha de tomar. Vostede coñece bastante o tamaño da ofensa que cometeu, e fágoo xuíz das reparacións que esixe. Hai medios pacíficos para satisfacernos; hainos crueis e sanguentos; mais, ben, de calquera escolla que faga, darame palabra de Don Xoán de darme satisfacción: non esqueza de darma, prégollo, e recorde que, de aquí en diante, só estou obrigado co meu honor. DON XOÁN: Eu non lle esixín nada, e cumprirei o que prometín. DON CARLOS: Veña, irmán meu, un momento de tranquilidade non fai ningunha inxuria á severidade do noso honor.
Escena quinta DON XOÁN, SGANARELLE DON XOÁN: ¡Oes, Sganarelle! SGANARELLE: ¿Que desexa? DON XOÁN: ¡Como! ¡Malandrín! ¿Foxes cando me atacan? SGANARELLE: Perdóeme, Señor, ando de aquí me pouso e aquí me levanto. Creo que este hábito é purgativo, e que levalo é coma tomar unha medicina. DON XOÁN: ¡Leve o demo o insolente! Polo menos cubre a túa covardía dun veo máis honesto. ¿Sabes a quen lle salvei a vida? SGANARELLE: ¿Eu? Non. DON XOÁN: A un irmán de Dona Elvira. SGANARELLE: Un ... DON XOÁN: É un home moi cabaleiroso, obrou con nobreza, e sinto ter un preito con el. SGANARELLE: Seralle doado de amaña-las cousas. DON XOÁN: Será, mais a miña paixón por Dona Elvira está apagada, e as ataduras non son compatibles co meu ánimo. Amo a liberdade en amor, ti sábelo, e non podería choe-lo meu corazón entre catro paredes. Díxencho vinte veces, teño unha inclinación natural para me deixar arrastrar por todo o que me atrae. O meu corazón é de tódalas mulleres, e han de tomalo cando lles toque, gardándoo canto poidan. Mais, ¿que soberbio edificio é o que vexo entre as árbores? SGANARELLE: ¿Non o sabe vostede? DON XOÁN: É ben verdade que non. SGANARELLE: ¡Pois! É a tumba que o comendador estaba facendo cando vostede o matou. DON XOÁN ¡Ah! Tes razón. Non sabía que estivese por aquí. Todo o mundo me contou marabillas desta obra, así como da estatua do Comendador, e teño ganas de as ir ver. SGANARELLE: ¡Señor, non vaia alí! DON XOÁN: ¿E logo? SGANARELLE: Non está ben ir ver un home que matou. DON XOÁN: Ó contrario, quero facerlle cortesía con esta visita, e recibiraa con agrado, se é un home cortés. Veña, entremos dentro. Ábrese a tumba, onde se ve un mausoleo soberbio e a estatua do Comendador. SGANARELLE: ¡Ah! ¡Que fermosura! ¡Que fermosas estatuas! ¡Que mármore máis fermoso! ¡Que fermosos piares! ¡Ah! ¡Que fermosura! ¿Que opina, Señor? DON XOÁN: Que a ambición dun home morto non pode chegar máis lonxe; e que encontro admirable que un home que pasou a súa vida nunha morada tan simple, quixese ter unha tan magnífica cando xa non lle fixese falta ningunha. SGANARELLE: ¡Velaquí está a estatua do Comendador! DON XOÁN: ¡Arre demo! ¡Velaí o está soberbio co seu hábito de emperador romano! SGANARELLE: Abofé, Señor, velaquí está ben feito. Semella que está vivo e que vaia falar, lánzanos miradas que me asustarían se estivese só. Penso que non lle agrada vernos. DON XOÁN: Estaría equivocado, e sería mal recibido o honor que lle fago. Pregúntalle se quere vir cear comigo. SGANARELLE: Penso que é algo innecesario. DON XOÁN: Dígoche que lle preguntes. SGANARELLE: ¿Búrlase de min? Sería estar tolo querer falar cunha estatua. DON XOÁN: Fai o que che digo. SGANARELLE: ¡Isto é de tolos! Señor Comendador ... Río da miña parvada, mais é o meu amo quen mo manda facer. Señor Comendador, o meu amo, Don Xoán, pregúntalle se lle quere face-lo honor de vir cear con el. (A estatua baixa a cabeza.) ¡Ah! DON XOÁN: ¿Que é? ¿Que tes? ¡Di, logo! ¿Queres falar? SGANARELLE: Facendo o mesmo sinal que lle fixo a estatua e baixa a cabeza. A estatua ... DON XOÁN: ¡Eh, ben! ¿Que queres dicir, traidor? SGANARELLE: Dígolle que a estatua ... DON XOÁN: ¡Eh, ben! ¿A estatua? Mátote se non falas. SGANARELLE: A estatua fíxome un sinal. DON XOÁN: ¡Malia o malandrín! SGANARELLE: Dígolle que me fixo un sinal: non hai nada máis certo. Váialle falar vostede mesmo para velo, se cadra ... DON XOÁN: Ven, pillabán, ven, vouche demostra-la túa covardía. Atende. ¿Querería vi-lo Señor Comendador cear comigo? A estatua baixa outra vez a cabeza. SGANARELLE: Nin pagándome faría eu iso. ¡Eh, ben! ¿Señor? DON XOÁN: Veña, saiamos de aquí. SGANARELLE: ¡Velaí están os meus espíritos fortes, que non queren crer en nada!
ACTO CUARTO Escena primeira DON XOÁN, SGANARELLE DON XOÁN: Sexa o que sexa, deixémolo: é unha miudeza, podemos estar equivocados por un mal día, ou sorprendidos por calquera tormento pasaxeiro que nos anubrase a vista. SGANARELLE: ¡Eh! Señor, velaí o viron os nosos propios ollos, non o queira negar. Nada hai máis certo ca aquel sinal coa cabeza, e eu non dubido de que o Ceo, escandalizado pola súa conducta, producise este milagre para convencelo e arredalo de ... DON XOÁN: Escoita. Se me importunas outra vez coas túas necias leccións de moralidade, como me díga-la máis mínima palabra diso fago chamar a un calquera, mando traer un vergallo, agarrarte entre tres ou catro e moerte a pancadas. ¿Enténdesme ben? SGANARELLE: Perfectamente, Señor, mellor que nunca. Vostede explícase con moita claridade; é o que hai de bo en vostede, que non anda con viravoltas: vostede di as cousas cunha nitidez admirable. DON XOÁN: Veña, que me fagan a cea o antes que poidan. Unha cadeira, mociño.
Escena segunda DON XOÁN, A VIOLETA, SGANARELLE A VIOLETA: Señor, velaí está o seu trapeiro, o señor Domingos, que lle quere falar. SGANARELLE: ¡Ben, velaí o que nos cómpre, cumprimentos de acredor! ¿Por que se ha de atrever el a virnos pedir diñeiro, e como non lle dixeches que o Señor non estaba aquí? A VIOLETA: Hai tres cuartos de hora que llo dixen, mais el non o quere crer, e sentou alá dentro para agardar. SGANARELLE: Que espere o que queira. DON XOÁN: Non, ó contrario, faino entrar. Ocultarse ós acredores é a peor política que hai. Está ben pagarlles con calquera cousa, e eu teño un segredo para envialos satisfeitos sen lles dar nin tan sequera un marabedí.
Escena terceira DON XOÁN, O SEÑOR DOMINGOS, SGANARELLE, CRIADOS DON XOÁN: Facendo moitos cumpridos. ¡Ah! Señor Domingos, achéguese. ¡Canto me alegro de velo, e canto maldigo ós criados por non o teren feito entrar antes! Dera orde de que non me viñese falar ninguén; mais esta orde non é para vostede, vostede ten o dereito de non atopar nunca a porta da miña casa pechada. SEÑOR DOMINGOS: Estoulle moi agradecido, Señor. DON XOÁN: Falando ós seu lacaios. ¡Así Deus me dea! ¡Malandríns! ¡Heivos aprender a deixa-lo señor Domingos na antecámara, heivos facer coñece-las persoas! SEÑOR DOMINGOS: Señor, non é nada. DON XOÁN: ¡Como! ¡Dicirlle que eu non estaba aquí, ó señor Domingos, ó mellor dos meus amigos! SEÑOR DOMINGOS: Señor, son o seu servidor. Eu viña... DON XOÁN: Veña, axiña, un asento para o señor Domingos. SEÑOR DOMINGOS: Señor, eu estou ben así. DON XOÁN: ¡Acabouse! Quero que sente ó meu lado. SEÑOR DOMINGOS: Iso non é necesario. DON XOÁN: Quitade este asento que dobra e traede unha cadeira de brazos. SEÑOR DOMINGOS: Vostede búrlase de min, Señor, e... DON XOÁN: Diso nada, sei o que lle debo, e non quero que haxa diferencias entre nó-los dous. SEÑOR DOMINGOS: Señor... DON XOÁN: Veña, sente. SEÑOR DOMINGOS: Non é necesario, Señor, só lle teño que dicir unha palabra. Viña... DON XOÁN: ¡Dígolle que sente aí! SEÑOR DOMINGOS: Non, Señor, estou ben así. Eu viña para... DON XOÁN: Non, non o escoito se non senta. SEÑOR DOMINGOS: Señor, eu fago o que queira. Eu... DON XOÁN: ¡Así Deus me dea! ¡Que boa saúde aparenta vostede, señor Domingos! SEÑOR DOMINGOS: Si, Señor, para servilo. Eu vin... DON XOÁN: Vostede ten unha saúde admirable, labios frescos, a face encarnada, e os ollos vivos. SEÑOR DOMINGOS: Quería... DON XOÁN: ¿Que tal vai a señora Domingos, a súa esposa? SEÑOR DOMINGOS: Moi ben, Señor, a Deus gracias. DON XOÁN: É unha muller magnífica. SEÑOR DOMINGOS: Ela é a súa servinte, Señor. Eu viña... DON XOÁN: ¿E a súa filliña Clodia, como vai ela? SEÑOR DOMINGOS: Coma as rosas. DON XOÁN: ¡Que neniña máis fermosa! Quéroa de todo corazón. SEÑOR DOMINGOS: É moito honor o que lle fai, Señor. Eu... DON XOÁN: E o pequeno Colás ¿Segue facendo sempre tanto ruído co seu tambor? SEÑOR DOMINGOS: Sempre o mesmo, Señor. Eu... DON XOÁN: ¿E o seu canciño Brusquet? ¿Aínda rosma tanto, e morde nas pernas ás persoas que van á súa casa? SEÑOR DOMINGOS: Máis que nunca, Señor, e non sabemos como impedilo. DON XOÁN: Non o sorprenda que me informe das novas de toda a súa familia, xa que teño moito interese por ela. SEÑOR DOMINGOS: Nós estámoslle, Señor, infinitamente agradecidos. Eu... DON XOÁN: Tendéndolle a man. ¡Déame a man, señor Domingos! ¿Non é amigo meu logo? SEÑOR DOMINGOS: Señor, son o seu servidor. DON XOÁN: ¡Así Deus me dea! E eu a vostede quérolle de todo corazón. SEÑOR DOMINGOS: Vostede hónrame demasiado, Señor. Eu... DON XOÁN: Non hai nada que non fixese por vostede. SEÑOR DOMINGOS: Señor, vostede é demasiado bo comigo. DON XOÁN: E sen interese ningún, pídolle que o crea. SEÑOR DOMINGOS: Non merezo tal gracia, en verdade. Mais, Señor... DON XOÁN: ¡Ora pois! Señor Domingos, sen cumpridos, ¿Quere cear comigo? SEÑOR DOMINGOS: Non, Señor, cómpre que volva de seguida. Eu... DON XOÁN: Erguéndose. Veña, axiña, unha facha para acompañar ó señor Domingos, e que catro ou cinco dos meus homes collan os mosquetóns para escoltalo. SEÑOR DOMINGOS: Erguéndose tamén. Non é preciso, Señor, podo marchar eu só. Mais ... Sganarelle aparta os asentos axiña. DON XOÁN: ¡Como! Quero que o escolten, interésome moito por vostede; son o seu servidor e ademais o seu debedor. SEÑOR DOMINGOS: ¡Ai! Señor... DON XOÁN: É algo que non escondo e que lle digo a todo o mundo. SEÑOR DOMINGOS: Si... DON XOÁN: ¿Quere que o acompañe eu? SEÑOR DOMINGOS: ¡Ai! Señor, vostede mófase. Señor... DON XOÁN: Logo déame un abrazo, por favor. Prégolle unha vez máis, que se convenza de que son todo seu e que non hai nada que non faga por vostede. El sae. SGANARELLE: Hai que recoñecer que ten no Señor un home que lle quere ben. SEÑOR DOMINGOS: É certo, faime tantas cortesías, tantos cumprimentos, que nunca lle podería pedi-lo diñeiro. SGANARELLE: Asegúrolle que toda a súa casa perecería por vostede, e gustaríame que lle acontecese algo, que alguén lle empezase a dar golpes: vostede vería de qué forma... SEÑOR DOMINGOS: Créoo; mais, Sganarelle, prégolle que lle diga algo sobre o meu diñeiro. SGANARELLE: ¡Oh! Non se preocupe, pagaralle mellor ca ninguén. SEÑOR DOMINGOS: Mais vostede, Sganarelle, pola súa parte tamén me debe algo. SGANARELLE: ¡Morra o conto! Non fale diso. SEÑOR DOMINGOS: ¡O que! Eu... SGANARELLE: ¿Non sei eu ben o que debo? SEÑOR DOMINGOS: Sabe, mais... SGANARELLE: Veña, señor Domingos, voulle alumar. SEÑOR DOMINGOS: Mais o meu diñeiro... SGANARELLE: Agarrando ó señor Domingos polo brazo. ¿Vostede está a mofarse? SEÑOR DOMINGOS: Eu quero... SGANARELLE: Tirando del. ¡Eh! SEÑOR DOMINGOS: Eu quero... SGANARELLE: Empurrándoo. ¡Parvadas! SEÑOR DOMINGOS: Mais... SGANARELLE: Empurrándoo. ¡Abonda! SEÑOR DOMINGOS: Eu... SGANARELLE: Empurrándoo cara a fóra do teatro. ¡A calar, e non se fale máis!
Escena cuarta DON LOIS, DON XOÁN, A VIOLETA, SGANARELLE A VIOLETA: Señor, velaí está o Señor, seu pai. DON XOÁN: ¡Ah!¡Vaia! ¡Faltábame esta visita para facerme rabiar! DON LOIS: Ben vexo que che estorbo e que escusarías a miña visita de boa gana. A dicir verdade, incomodámonos dunha forma estraña un ó outro; e se vostede está canso de me ver, eu estouno dos seus extravíos. ¡Ai de min! ¡Que pouco sabemos o que facemos cando non deixamos ó Ceo o coidado daquilo que máis nos fai falta, cando nós queremos ser máis prudentes ca el, e que importunamos cos nosos cegos desexos e as desatinadas peticións! Eu desexei un fillo cun entusiasmo sen par; pedino sen descanso con inusitada vehemencia; e o fillo que obteño, cansando ó Ceo coas miñas súplicas, é o pesar e mailo suplicio desta mesma vida, da que crin que sería a felicidade e o consolo. ¿Con que mirada, segundo o seu parecer, pensa vostede que podo ver este cúmulo de accións indignas, das que un ten pena, ante os ollos do mundo, para suaviza-lo malvado efecto, e esta sucesión ininterrompida de lances criminais que, a tódalas horas, nos obrigan a cansa-la bondade do Soberano, despois de esgota-lo valor dos meus servicios e o crédito dos meus amigos? ¡Ah, que vileza é a súa! ¿Non se avergonza de verse tan indigno do seu nacemento? ¿Que dereito ten, dígame, de oufanarse del? ¿E que fixo nesta vida para ser nobre? ¿Cre que chega con leva-lo nome e as armas, e que nos é unha gloria proceder de sangue nobre cando vivimos como infames? Non, non, o nacemento non é nada cando non hai virtude. Tampouco temos parte na gloria dos nosos antepasados en tanto que non nos esforcemos por imitalos. E o resplandor das súas accións que herdamos impóñennos un compromiso de lles face-lo mesmo honor, de segui-los pasos que eles nos trazan, e de non dexenera-las súas virtudes, se nós queremos ser estimados como os seus lexítimos descendentes. Así, en balde descende dos antepasados dos que procede: eles négano polo seu sangue e todo o que fixeron de ilustre non lles dá ningunha vantaxe; ó contrario, o seu brillo reloce unicamente como deshonra súa, e a súa gloria é unha facha que ilumina ante os ollos de cada un a vergonza das súas accións. Saiba, ó final, que un cabaleiro que vive mal é como un monstro na natureza, que para min son máis importantes as accións que facemos có nome con que as asinamos, e que estimaría máis ó fillo dun mozo de fretes que fose un home honesto, ca ó fillo dun monarca que vivise coma vostede. DON XOÁN: Señor, se vostede sentara, estaría mellor para falar. DON LOIS: Non, insolente, non quero sentar, nin falar máis, ben vexo que tódalas miñas palabras nada fan na túa alma. Mais, sabe, fillo indigno, que a tenrura paternal está a punto de extinguirse polas túas accións, que saberei, antes do que ti penses, poñer un límite ás túas desordes, incitarei sobre ti a carraxe do Ceo, e lavarei co teu castigo a vergonza de terte feito nacer.
Escena quinta DON XOÁN, SGANARELLE DON XOÁN: ¡Ei! Que morra canto antes, é o mellor que pode facer. Cómpre que cada un teña a súa quenda, e eu rabio por ve-los pais que viven tanto coma os seus fillos. Senta nunha cadeira de brazos. SGANARELLE: ¡Ai, Señor! Non ten ningunha razón. DON XOÁN: ¿Estou equivocado? SGANARELLE: Señor... DON XOÁN: Érguese do seu asento. ¿Estou equivocado? SGANARELLE: Está, Señor, vostede está equivocado por aguanta-lo que lle dixo; debeuno coller polos ombros e botalo fóra. ¿Viuse nunca maior impertinencia? ¡Vir un pai censurar a un fillo, e mandarlle corrixi-las súas accións, reconsidera-lo seu nacemento, para levar unha vida de home honesto, e outras cen parvadas de semellante natureza! ¿Pode aguantar iso un home coma vostede, que sabe como cómpre vivir? Eu admiro a súa paciencia; e se eu estivese no seu lugar teríalle dito vaite e non volvas. (Á parte.) ¡Oh compracencia maldita, a que me obrigas! DON XOÁN: ¿Faranme a cea axiña?
Escena sexta DON XOÁN, DONA ELVIRA, RAGOTÍN, SGANARELLE RAGOTÍN: Señor, velaquí está unha dama envolta nun veo que vén falar con vostede. DON XOÁN: ¿Quen poderá ser? SGANARELLE: Cómpre mirar. DONA ELVIRA: Non o sorprenda, Don Xoán, verme a estas horas e vestida deste xeito. É un motivo urxente o que me obriga a facerlle esta visita, e o que lle vou dicir non quere ningunha demora. Non veño aquí chea da carraxe que estoupou en min antes, vostede ben me ve cambiada en relación a como estaba esta mañá. Non son aquela Elvira que facía xuramentos contra vostede, aquela Elvira que tiña a alma enfurecida e só lanzaba ameazas e unicamente quería vingarse. O Ceo desterrou da miña alma tódolos pensamentos indignos que sentía cara a vostede, aqueles impulsos tumultuosos, froito dun apego criminal, aqueles vergonzosos arrebatos dun amor terrestre e basto; e só deixou no meu corazón unha chama pura de todo contacto carnal, unha tenrura chea de santidade, un amor desatado de todo, que non se move polo seu propio interese e entristécese polo de vostede. DON XOÁN: A Sganarelle. Eu creo que ti estás chorando. SGANARELLE: Descúlpeme. DONA ELVIRA: Este perfecto e puro amor é quen me conduce aquí polo seu ben, para lle comunicar un aviso do Ceo, e intentar apartalo dun precipicio cara a onde vai. Si, don Xoán, coñezo tódalas desordes da súa vida, e este mesmo Ceo, quen me chamou ó corazón, e fixo poñe-los ollos nos extravíos da miña conducta, inspiroume para vir encontralo, e dicirlle, de parte del, que as súas ofensas esgotaron a misericordia del, que a súa temible cólera está a punto de caer sobre vos, que o evitalo está en vos mediante un rápido arrepentimento e que pode ser que xa non lle quede nin sequera un día para se salvar do máis grande de tódolos males. Pola miña parte, eu xa non teño con vos ningunha atadura terreal; renunciei, gracias ó Ceo, ós meus loucos pensamentos; o meu retiro está resolto, e non pido máis que suficiente vida para poder expia-la falta que cometín, e merecer, mediante unha austera penitencia, o perdón da cegueira onde me mergullaron os desvaríos dunha paixón culpable. Mais, neste retiro, terei unha dor extrema, se unha persoa a quen quixen con tenrura chegue a ser un exemplo funesto da xustiza do Ceo; e terei unha felicidade inefable se puidese arredar da súa cabeza o espantoso golpe que o ameaza. Por favor, Don Xoán, concédame, como derradeiro favor, esta doce consolación. Non me negue a súa salvación que lle pido con lágrimas, e, se non o move o seu propio interese, escoite polo menos os meus pregos, e, evíteme a cruel dor de velo condenado ás penas eternas. SGANARELLE: Á parte. ¡Pobre muller DONA ELVIRA: Ameino cunha tenrura extrema, a nada no mundo quixen tanto como a vos, esquecín o meu deber por vostede, por vos fixen todo; e toda a recompensa que lle pido é que se emende para evita-la súa perdición. Sálvese, prégollo, polo seu amor ou polo meu. Unha vez máis, Don Xoán, pídollo con lágrimas, e se non abondan as lágrimas dunha persoa que o amou, rógollo por aquilo que lle sexa máis querido. SGANARELLE: Á parte. ¡Víbora! DONA ELVIRA: Despois desta recomendación, marcho, velaí está todo canto lle tiña que dicir. DON XOÁN: Señora, é tarde, quede aquí. Acomodarémola o mellor que poidamos. DONA ELVIRA: Non, Don Xoán, non me reteña máis. DON XOÁN: Señora, se quedase compraceríame moito, asegúrollo. DONA ELVIRA: Dígolle que non, non perdámo-lo tempo con conversas superfluas. Déixeme marchar axiña, e non insista en acompañarme, pense soamente en aproveita-lo meu aviso.
Escena sétima DON XOÁN, SGANARELLE, CRIADOS DON XOÁN: ¿Sabes que aínda sentín certa emoción por ela, que a encontrei atractiva nesta estraña mudanza, e que a súa indumentaria descoidada, o seu aspecto lánguido, e as súas lágrimas espertaron en min o remol do lume apagado? SGANARELLE: Isto é, as súas palabras non fixeron efecto ningún en vostede. DON XOÁN: Axiña, imos darlle que facer ós dentes. SGANARELLE: Moi ben. DON XOÁN: Sentando á mesa. De todos modos, Sganarelle, haberá que pensar en emendarse. SGANARELLE: ¡Claro que si! DON XOÁN: ¡Abofé que si! Cómpre emendarse. Vinte ou trinta anos desta vida e despois pensaremos en nós. SGANARELLE: ¡Oh! DON XOÁN: ¿Que dis ti? SGANARELLE: Nada, velaí está a cea. Colle un anaco de comida dun dos pratos que traen e méteo na boca. DON XOÁN: Parece que te-la meixela inflada ¿Que é iso? Fala xa. ¿Que tes aí? SGANARELLE: Nada. DON XOÁN: Móstramo. ¡Así Deus me dea! ¡Saíulle un flegmón na meixela! ¡Axiña, unha lanceta para abrirllo! O pobre rapaz non pode máis e este absceso poderíao afogar. ¡Agarda! ¡Pois si que estaba maduro! ¡Ah, que malandrín é! SGANARELLE: ¡Abofé, Señor! Eu quería ver se o seu cociñeiro puxera moito sal ou demasiada pementa. DON XOÁN: Veña, senta aí e come. Axustarei as contas contigo ó teñamos comido. Polo que vexo tes fame. SGANARELLE: Senta á mesa. Xa o creo, Señor: non comín desde esta mañá. Probe isto, velaí que non probaría couas mellor ca isto. Un lacaio quita os pratos de Sganarelle tan pronto como hai algo de comer neles. ¡O meu prato! ¡O meu prato! Máis a modo. ¡Cómalle xudas os dedos! ¡Que lixeiro anda para limpa-los pratos, meu compadre! E vostede, a Violeta ¡que ben sabe cando hai que servir de beber! Mentres un lacaio lle serve de beber, outro vólvelle quita-lo seu prato. DON XOÁN: ¿Quen pode chamar dese xeito? SGANARELLE: ¡Quen demo nos vén estorbar na nosa comida! DON XOÁN: Quero cear tranquilamente tan sequera, e que non deixen entrar a ninguén. SGANARELLE: Déixemo facer a min, vou eu mesmo mirar quen é. DON XOÁN: ¿Que é logo? ¿Que che pasa? SGANARELLE: Baixando a cabeza como fai a estatua. O... ¡Que está aí! DON XOÁN: Imos ver e demostremos que nada me pode conmover. SGANARELLE: ¡Ai, pobre Sganarelle! ¿Onde te esconderás?
Escena oitava DON XOÁN, A ESTATUA DO COMENDADOR, que vai sentar á mesa, SGANARELLE, CRIADOS. DON XOÁN: Unha cadeira e un cuberto, axiña. (A Sganarelle.) Veña, senta á mesa. SGANARELLE: Señor, xa non teño fame. DON XOÁN: Dígoche que sentes aí. Para beber á saúde do Comendador. Brinda comigo Sganarelle. Que lle dean viño. SGANARELLE: Señor, eu non teño sede. DON XOÁN: Bebe e canta a túa canción para agasallar ó Comendador. SGANARELLE: Estou constipado, Señor. DON XOÁN: Non importa. Veña. Vide vosoutros e acompañádeo a cantar. A ESTATUA: Xa é abondo, Don Xoán. Invítoo a que veña cear mañá comigo. ¿Terá valor de vir? DON XOÁN: Irei, irei acompañado unicamente de Sganarelle. SGANARELLE: Agradézollo, pero mañá é o meu día de xaxún. DON XOÁN: A Sganarelle. Colle esta facha. A ESTATUA: Non se precisa luz, cando nos conduce o Ceo. ACTO QUINTO Escena primeira DON LOIS, DON XOÁN, SGANARELLE DON LOIS: ¿Como? ¿Será posible, fillo meu, que a bondade do Ceo escoitase as miñas súplicas? ¿O que me di é verdade? ¿Non me estará enganando con falsas esperanzas e podo ter certeza da noticia sorprendente de tal conversión? DON XOÁN: Facendo o hipócrita. Pode, aquí me ve arrepentido de tódolos meus erros; eu xa non son o mesmo de onte á noite, o Ceo produciu en min de súpeto un cambio que vai sorprender a todo o mundo: tocoume a alma e abriume os ollos, e miro con horror a longa cegueira onde estiven, e os excesos criminais da vida que eu levaba. Conto no meu espírito as abominacións, e sorpréndeme cómo o Ceo as puido aguantar tanto tempo, sen deixar caer sobre a miña cabeza o golpe da súa temible xustiza. Vexo a gracia que a súa bondade me concedeu non castigándome polos meus crimes; eu pretendo aproveita-la vida como debo e mostrar ante os ollos do mundo un repentino cambio de vida, repara-lo escándalo das miñas accións pasadas, e esforzarme por obter do Ceo unha plena remisión. É nisto no que vou traballar, e, pídolle, Señor, que queira contribuír a este propósito, para axudarme, vostede mesmo, a escoller a unha persoa que me sirva de guía e baixo a súa conducción poida guiarme seguro no camiño que vou emprender. DON LOIS: ¡Ai, fillo meu! ¡Que doado é esperta-la tenrura dun pai, e que axiña desaparecen as ofensas dun fillo con tan só unha palabra de arrepentimento! Xa non me lembro de tódolos pesares que me deu, e todo está borrado polas palabras que acabo de escoitar. Recoñezo que estou cheo de alegría e que choro de contento. Cumpríronse tódolos meus desexos, e xa non me queda máis nada que pedir ó Ceo de aquí en diante. Déame un abrazo, fillo meu, e persista, polo que máis queira, neste loable propósito. Pola miña parte, voulle levar esta feliz nova a súa nai, compartir con ela o gozo encantador que sinto, e dar gracias ó Ceo polas santas resolucións que se dignou a inspirarlle.
Escena segunda DON XOÁN, SGANARELLE SGANARELLE: ¡Ai, Señor, que feliz estou por velo convertido! Hai moito tempo que agardaba isto, e velaí están, gracias ó Ceo, tódolos meus desexos cumpridos. DON XOÁN: ¡Leve o demo o panoio! SGANARELLE: ¿O que? ¿Panoio? DON XOÁN: ¿Como? ¿Críche-lo que acabo de dicir? ¡Falo da caza para mercala na praza! SGANARELLE: ¡Como! ¡Que non é...! ¡Que vostede non...! ¡Que o seu...! ¡Oh! ¡Que home! ¡Que home! ¡Que home! DON XOÁN: Non, non, eu non cambiei, os meus sentimentos son sempre os mesmos. SGANARELLE: ¿Non se rende vostede ante a sorprendente marabilla dunha estatua que se move e fala? DON XOÁN: Hai algo niso que non entendo; mais sexa o que sexa, non chega para convence-lo meu espírito, nin para turbarme a alma; e se eu dixen que quería corrixi-la miña conducta, e comezar unha vida exemplar, é un desexo que formulei de boca para fóra, unha estrataxema útil, un disfrace necesario que me quero pór para aproveitarme dun pai que necesito, para pórme ó cuberto, dos homes, contra cen lances importunos que me poidan chegar. Paréceme ben, Sganarelle, facerte confidente disto, estimo moito ter unha testemuña do que acontece no fondo da miña alma e dos verdadeiros motivos que me obrigan a face-las cousas. SGANARELLE: ¡Como! ¡Non cre en nada e aínda pretende erixirse en home de ben! DON XOÁN: ¿E por que non? ¡Cantos outros hai coma min, que profesan esta doutrina, e que se serven da mesma máscara para engana-las persoas! SGANARELLE: ¡Ai! ¡Que home! ¡Que home! DON XOÁN: Agora ninguén se avergonza disto: a hipocrisía é un vicio en moda, e tódolos vicios en moda pasan a ser virtudes. O personaxe de home de ben é o mellor de tódolos personaxes que se poden representar hoxe en día, e a profesión da hipocrisía ofrece marabillosas vantaxes. E a impostura desta arte sempre é respectada, e aínda que se descubra ninguén ousa dicir nada contra ela. Tódolos outros vicios dos homes están expostos á censura, e cada un ten a liberdade de atacalos ás abertas; mais a hipocrisía é un vicio privilexiado, que ten na súa man pecha-la boca a todo o mundo e goza tranquilamente dunha impunidade soberana. Chega a formar, mediante burlas, unha unión estreita coa xente do seu partido. A quen topa con un, bótanselle todos enriba; e mesmo aqueles que actúan de boa fe, e que cada un coñece por estar verdadeiramente enganados; mesmo aqueles, digo eu, son sempre as persoas enganadas polos outros; eles caen de cheo na rede das burlas e apoian ás cegas coas súas accións ós macacos. ¿A cantos cres ti que coñezo que, pola súa estrataxema, conseguiran reparar con habilidade as desordes da súa mocidade, que se escudaran no manto da relixión, e, baixo este hábito respectado, teñan o permiso para se-los homes máis malvados do mundo? Por máis que se coñezan as súas intrigas, por máis que se coñezan polo que eles son, non deixan por iso de ter crédito entre as persoas; e con calquera abaixamento de cabeza, un suspiro mortificado, move-los ollos, teñen perdoado todo canto poidan facer. É baixo este abrigo favorable onde me quero salvar e asegura-los meus asuntos. Non deixarei os meus agradables costumes; mais terei coidado de esconderme e divertireime caladamente. Que se eu chego a ser descuberto, verei, sen me mover, interesarse por min tódolos meus confidentes, e sería defendido por eles contra todo. A fin de contas, é a verdadeira maneira de facer impunemente todo canto queira. Convertereime en censor das accións alleas, xulgarei mal a todo o mundo e só terei boa opinión de min mesmo. Unha vez que un me agravie, inda que sexa pouco, nunca lle perdoarei e gardarei un odio calado irreconciliable. Fareime o vingador dos intereses do Ceo, e baixo este pretexto tan cómodo, incitarei ós meus inimigos, acusareinos de impiedade e saberei lanzar contra eles a fanáticos indiscretos, que, sen coñecemento de causa, berrarán publicamente contra eles, cubriranos de inxurias, condenaranos irremisiblemente pola súa autoridade privada. É así como cómpre aproveitarse da debilidade humana e como un espírito sabio se acomoda ós vicios do seu tempo. SGANARELLE: ¡Así Deus me salve! ¿Que estou oíndo? Só lle faltaba ser hipócrita para acabarse completamente, e velaí está o cumio das abominacións. Señor, esta última si que me importa e non me pode impedir falar. Faga o que queira, pégueme, déame pancadas, máteme, se quere: cómpre que lle diga o que sinto, que lle diga, como fiel criado que son, o que debo. Saiba, Señor, que a cabra co vezo dá co corno no cu; e como moi ben di este autor que non coñezo, o home está no mundo coma o paxaro na póla, a póla está unida á árbore, quen se une á árbore segue bos preceptos, os bos preceptos valen máis cás fermosas palabras, as fermosas palabras encóntranse na corte, na corte están os cortesáns, os cortesáns seguen a moda, a moda vén da fantasía, a fantasía é unha facultade da alma, a alma é a que nos dá a vida, a vida acaba coa morte, a morte fainos pensar no Ceo, o Ceo está máis arriba da terra, a terra non é o mar, o mar está suxeito ás treboadas, as treboadas atormentan as naves, as naves precisan un bo piloto, un bo piloto ten prudencia, a prudencia non está nos mozos, os mozos deben obedecer ós anciáns, os anciáns aman as riquezas, as riquezas fan os ricos, os ricos non son pobres, os pobres teñen necesidades, a necesidade non ten lei, quen non ten lei vive coma un animal, e, como consecuencia, vostede será condenado ó inferno. DON XOÁN: ¡Marabilloso razoamento! SGANARELLE: Despois disto, se non se rende, peor para vostede.
Escena terceira DON XOÁN, DON CARLOS, SGANARELLE DON CARLOS: Don Xoán, vaia casualidade atoparnos e canto me alegro de velo aquí antes que na súa casa para preguntarlle qué resolución tomou. Vostede sabe que me agarda esta encomenda xa que estaba presente cando me fixen cargo dela. Pola miña parte, non o escondo, desexo que as cousas se amañen pacificamente, e non hai nada que non fixese para leva-lo seu espírito por este camiño e verlle confirmar á miña irmá o nome de súa muller. DON XOÁN: Cun ton hipócrita. ¡Ai de min! Quería de todo corazón darlle a satisfacción que desexa; mais o Ceo oponse directamente a iso: el inspiroulle á miña alma o propósito de cambiar de vida, e eu agora non teño outro pensamento que romper por completo tódalas ataduras con este mundo, desprenderme canto antes de todo tipo de vaidade, e corrixir ademais mediante unha austera conducta tódalas desordes criminais, onde me levou a chama dunha cega mocidade. DON CARLOS: Este propósito, don Xoán, non está enfrontado co que eu digo, e a compañía dunha muller lexítima, pódese acomodar ben cos loables pensamentos que o Ceo lle inspirou. DON XOÁN: ¡Ai de min! Diso nada. É o propósito que a súa propia irmá me pediu, ela resolveu o seu retiro; fomos chamados os dous a un tempo. DON CARLOS: A súa determinación non nos pode satisfacer, podendo atribuírse ó desprezo que faría dela e da nosa familia, o noso honor esixe que viva con vostede. DON XOÁN: Asegúrolle que iso non pode ser; para min, sería o máis desexado do mundo, e aínda hoxe lle pedín eu mesmo consello ó Ceo; mais cando llo consultei, escoitei unha voz que me dixo que non debía pensar na súa irmá, que con ela nunca obtería a miña salvación. DON CARLOS: ¿Cre vostede, Don Xoán, que nos vai cativar con esas fermosas escusas? DON XOÁN: Eu obedezo a voz do Ceo. DON CARLOS: ¿O que? ¿Quere vostede pagarme con semellante discurso? DON XOÁN: É o Ceo que o quere así. DON CARLOS: ¿Sacaría a miña irmá dun convento para logo deixala? DON XOÁN: O Ceo ordénao dese xeito. DON CARLOS: ¿Sufriremos nós esta mancha na nosa familia? DON XOÁN: Pregúntenllo ó Ceo. DON CARLOS: ¡Eh, como! ¡Sempre o Ceo! DON XOÁN: O Ceo deséxao así. DON CARLOS: Xa chega. Don Xoán, enténdoo. Non é aquí onde quero loitar con vostede, nin o permite o lugar; mais de aquí a un anaco sabereino encontrar. DON XOÁN: Vostede fará o que queira, sabe que non me falta valor, e que me sei servir da miña espada cando cómpre. Pasarei despois por aquela pequena rúa apartada que conduce ó convento maior; mais pola miña parte, declárolle que non teño ningunha intención de baterme con vostede: o Ceo prohíbeme ese pensamento, e se vostede me ataca, verémo-lo que ocorre. DON CARLOS: Verémolo, en verdade que o veremos.
Escena cuarta DON XOÁN SGANARELLE SGANARELLE: ¿Señor, que demo de estilo colleu agora? Isto é ben peor que todo o demais, e eu preferíao moito mellor como era antes. Sempre agardei a súa salvación a pesar de todo; mais agora desespero, e creo que o Ceo, que o aguantou ata aquí, non poderá tolerar este último erro. DON XOÁN: Boh, boh, o Ceo non é tan estricto como ti pensas; e se cada vez que os homes... SGANARELLE: Albiscando un espectro. ¡Ai, Señor! ¡É o Ceo que lle fala, é un aviso que lle dá! DON XOÁN: Se o Ceo me dá un aviso, cómpre que fale máis claro, se quere que o entenda.
Escena quinta DON XOÁN, UN ESPECTRO vestido de muller tapada cun veo, SGANARELLE O ESPECTRO: Don Xoán, só ten un momento para aproveita-la misericordia do Ceo; e se non se arrepinte agora, a súa perda está resolta. SGANARELLE: ¿Escoita vostede, Señor? DON XOÁN: ¿Quen ousa dicir esas palabras? Creo coñecer esta voz. SGANARELLE: ¡Ai, Señor, é un espectro! Coñézoo ó camiñar. DON XOÁN: Espectro, pantasma ou diaño, quero ve-lo que é. O espectro cambia de figura e representa o tempo coa súa gadaña na man. SGANARELLE: ¡Así Deus me leve! ¿Ve vostede, Señor, ese cambio de figura? DON XOÁN: Non, non, non hai nada capaz de infundirme temor. Quero probar coa miña espada se é corpo ou espírito. O espectro érguese en voo ó tempo que Don Xoán o quere ferir. SGANARELLE: ¡Ai, Señor! Réndase ante tantas probas, e arrepíntase axiña. DON XOÁN: Non, non, veña o que veña, ninguén poderá dicir que son capaz de pedir misericordia. Veña, sígueme.
Escena sexta A ESTATUA, DON XOÁN, SGANARELLE A ESTATUA: ¡Detéñase, Don Xoán! Deume onte palabra de vir comer comigo. DON XOÁN: Dei. ¿Onde hai que ir? A ESTATUA: Déame a man. DON XOÁN: Velaí está. A ESTATUA: Don Xoán, o obstinarse no pecado trae consigo unha morte funesta, e a gracia do Ceo que rexeitou abre un camiño ó seu raio. DON XOÁN: ¡Así Deus me leve! ¿Que sinto? ¡Quéimame unha chama invisible!¡Xa non podo máis! ¡O meu corpo vén sendo un braseiro ardendo! ¡Ah! Cae unha gran tronada sobre Don Xoán. Ábrese a terra e o abismo. Saen grandes chamas do lugar, onde caeu. SGANARELLE: ¡Ah, miña soldada! ¡Miña soldada! Velaí está, pola súa morte todos satisfeitos: Ceo ofendido, leis violadas, rapazas seducidas, familias deshonradas, pais aldraxados, mulleres maltratadas, maridos enfurecidos. Todo o mundo está contento, só son eu o único desafortunado... [¡Miña soldada! ¡Miña soldada! ¡Miña soldada!]
|