Voltar

Giovanni Boccaccio

Decamerón (selección)

Versión galega de Xavier Rodríguez Baixeras

 

  

Rinaldo d'Esti, que foi roubado, vai parar a Castel Guiglielmo e é hospedado por unha dama viuva; e, resarcido dos seus males, regresa á súa casa san e salvo.

Había, no tempo do marqués Azzo de Ferrara, un mercador chamado Rinaldo d'Esti, que fora a Bolonia por mor dos seus negocios. Concluidos estes e ao voltar para casa, ocorreu que, saíndo de Ferrara e cabalgando cara a Verona, topou con uns que parecían mercadores, pero que eran pillabáns e homes de vida e condición ruin, aos que, dándolles parola imprudentemente, acompañou. Eles, vendo que era mercador e pensando que debía levar diñeiro, decidiron, na máis mínima ocasión, roubarlle. E así, para que non se puxese en sospeita, foron latricando con el a guisa de homes modestos e de boa condición, sobre cousas honestas e leais, mostrándose, no que podían e sabían, humildes e de bo xacer, polo que se consideraba moi afortunado, pois ía só, cun criado a cabalo. E así, camiñando, pasando dun asunto a outro, tal como ocorre nas conversas, acabaron falando das oracións que os homes lle rezan a Deus.

E un dos malfeitores, que eran tres, díxolle a Rinaldo: "E vós, señor, ¿que oración soedes rezar cando ides de camiño?" Ao que Rinaldo respondeu: "Verdadeiramente, eu sonvos un home bastante rudo e groseiro para estas cousas e podo contar coas mans as oracións que sei, xa que vivo á antiga e non ando con lilainas. Emporiso, tiven sempre por costume, ao ir de camiño, rezar ao saír da pousada, á mañá, un painoso e unha avemaría pola alma do pai e da nai de San Xilián, e, ao rematar, prégolles a Deus e a el que, ao chegar a noite, me dean unha boa pousada. E máis dunha vez téñome visto, camiñando, en grandes perigos, para, logo de ter escapado deles, dar á noite cun bo lugar e unha boa hospedaxe. Así que teño a firme convicción de que San Xilián, que eu venero, me concedeu esta gracia por medio de Deus. E eu non había de andar ben polo día, seica, nin chegar ben á noite, no caso de non lle ter rezado á mañá.

Ao que, aquel que lle preguntara, dixo: "E que, ¿rezástelle, esta mañá?"

Rinaldo respondeu: "Recei".

Entón, aquel, que xa debía saber como ía a cousa, tivo para si: "Pois que che aproveite, que, se non fallamos, seica esta noite has hospedarte mal". E, despois, díxolle: "Eu tamén teño camiñado moito e nunca lle recei, e iso que xa mo recomendaran moitos, nin nunca me ocorreu que por culpa diso non me hospedase ben. E esta noite, se cadra, poderedes ver quen se ha hospedar mellor, se vos, que lle rezastes, ou se eu, que non. Verdade que eu rezo, no canto do Dirupisti, ou a Intemerata ou ben o De Profundi, que son, segundo unha miña aboa, sde grandísima virtude.

E así falando sobre varias cousas, e seguindo camiño, e agardando polo lugar e e o tempo para o seu malvado propósito, ocorreu que, sendo xa tarde, pasado Castel Guiglielmo, ao vadear un río, vendo aqueles tres que a hora xa era avnzada e o lugar solitario e agochado, asaltárono, e roubárono, e, deixándoo en pé e máis en camisa, dixeron ao marchar: "Vai e mira se o teu San Xilián che ha dar unha boa pousada esta noite, que o noso nola ha de dar ben boa a nosoutros". E, vadeando o río, fóronse.

O criado de Rinaldo, ao ver que o asaltaran, cativo como era, nada dispuxo na súa axuda, senón que, como voltase o cabalo no que ía montado, non se gardou de saír correndo, foi para Castel Guiglielmo e, aquí, sendo xa noite, sen máis aquela, hospedouse. Rinaldo, que quedara en camisa e descalzo, sendo o frío intenso e nevando con forza, non sabendo o que facer, como vise que xa empardecera, tremendo e batendo os dentes, púxose a mirar ao redor por se había algún acubillo para pasar a noite e non morrer de frío. Pero, ao non ver ningún, pois, pouco tempo antes, houbera guerra naquela bisbarra e ardera todo, empurrado pola friaxe, foi trotando cara a Castel Guiglielmo, sen saber se o seu criado fuxira para alí ou para outro lugar, pensando que, no caso de poder entrar alí, Deus lle había de mandar algún acorro. Pero a noite escura sorprendeuno case a unha milla do burgo. Polo que chegou tan tarde que, ao estar as portas pechadas e as pontes erguidas, non puido entrar. Así que, chorando de aflicción e desconsolo, miraba ao redor buscando un lugar onde pousar, no que, cando menos, non lle nevase encima. E, por sorte, viu unha casa sobre os muros do castelo, que sobresaía un algo, e so o saínte da cal determinou estar ata o abrente. E alá foi, e atopando unha porta so ese saínte, como estivese pechada, axuntando ao pé desta algunha palla que alí había, pousou triste e magoado, queixándose moi a miudo de San Xilián, dicíndolle que non era digno da fe que lle profesaba. Pero San Xilián, que miraba por el, arranxoulle, sen máis demora, unha boa pousada.

Había naquel castelo unha viuva, feitiña como ningunha, á cal o marqués de Azzo amaba máis cá súa vida, e suplicáballe que se estivese alí, e a dama demorábase naquela casa, so o saínte da cal fora Rinaldo demorar. E era por acaso a véspera do día no que o marqués debía vir para pasar a noite con ela, e na súa casa, ás agachadas, fixera preparar o baño e unha nobre cea. E, estando todo disposto, e como ela nada agardase, non sendo a chegada do marqués, ocorreu que un criado chegou á porta con novas para o marqués segundo as cales debía cabalgar de contado, polo que, tras mandar que lle dixesen á dama que non esperase por el, foise súpeto. Conque a muller, un algo desconsolada, non sabendo o que facer, decidiu meterse no baño preparado para o marqués, e logo cear e deitarse. E, así, meteuse no baño.

Aquel baño estaba ao pé da porta a onde se achegara o malpocado Rinaldo, fora da cidade. De maneira que, estando a dama no baño, oíu o pranto e atremedeira de Rinaldo, que parecía terse convertido en cigoña. E, chamando á soncela, díxolle: "Vai arriba e mira para fóra do muro ao pé desta porta, a ver quen hai, e quen é, e que fai". Foi a criada e, axudada pola claridade do ar, viuno alí sentado, en camisa e descalzo, como ficou dito, aterecendo; polo que ela lle preguntou quen era. E Rinaldo, tremendo tanto que nin falar podía, díxolle quen era, e como e por que estaba alí, o máis brevemente que puido. E despois, piadosamente, comezou a rogarlle que, a poder ser, non o deixase alí na noite, morrendo de frío. A criada, compadecida, voltou onda a dama e contoullo todo. A cal, con piedade semellante, lembrou que tiña a chave daquela porta, que algunha vez servía para as entradas ocultas do marqués, e dixo: "Vai e ábrelle caladiño; aquí temo-la cea, que ninguén ha comer, e ben podemos hospedalo".

A criada, gabando moito a humanidade da señora, foi e abriulle. E tan logo o meteu dentro, a dama, como o vise tan aterecido, díxolle: "Axiña, bo home, entra nese baño, que aínda está quente". E el, sen agardar por máis invitacións, fíxoo de bo grado. E, todo reconfortado pola súa calor, pareceulle ter regresado da morte á vida. A dama emprestoulle roupa do seu marido, finado había pouco. A cal, cando a vestiu, acaeulle como feita á medida, e mentres agardaba polo que a dama lle encomendase, comezou a agradecer a Deus e a San Xilián que, como el esperaba, de noite tan brava o librasen e a tan boa albergaría, polo que vía, o conducisen. Despois, a dama, un algo descansada, mandando prender un bo lume nunha das súas grandes salas con chaminea, foi onda ela e preguntoulle quen era aquel home.

Ao que a criada respondeu: "Señora, está vestido e é un home aposto, e parece persoa de ben, e mesmo educada.

"Daquela", dixo a dama, "vai e chámao, e dille que se veña para o lume, e ha cear aquí, que ben sei que non ceou."

Rinaldo, tan logo entrou na sala e viu a dama, que lle pareceu de alta condición, saudouna cunha reverencia, e agradeceulle o mellor que soubo o seu beneficio. A dama, ao velo e escoitalo, parecéndolle o mesmo que dicía a doncela, recibiuno con ledicia e invitouno a sentar con ela familiarmente a carón do lume, e preguntoulle polo accidente que o trouxera ata alí; todo o cal contou Rinaldo en pormenor. Algo oíra a dama de aquilo ao chegar o criado de Rinaldo ao castelo, polo que ela acreditou enteiramente no que el dixera, e díxolle o que sabía do seu criado e como había de poder atopalo doadamente á mañá seguinte. E así que a mesa foi disposta, cando a dama quixo, Rinaldo, lavadas as mans, púxose a cear con ela. Era alto e feito, e de maneiras moi loábeis e xeitosas, e mozo de media idade; e como a dama lle puxera os ollos moitas veces e con moito aprecio, e o marqués, que debía ter vido xacer con ela, xa lle espertara na mente a luxuria, rematada a cea, erguéndose da mesa, aconsellouse coa criada se lle parecía ben que ela, posto que o marqués a deixara ás boas noites, usase daquel ben que, en troco, a sorte lle enviara.

A criada, que coñecía o desexo da súa señora, animouna no que puido e soubo. Polo que a dama, voltando ao lume onde deixara a Rinaldo só, mirando para el amorosamente, díxolle: "Ai, Rinaldo, ¿por que estades tan caviloso? ¿Non confiades que vos poida ser devolto un cabalo e alguns panos que perdestes? Consoládevos, alegrádevos, que estades na vosa casa. Aínda máis: debo dicirvos que, véndovos con esta roupa que foi do meu defunto marido, parecéndome que érades el, degorei moitas veces abrazarvos e bicarvos. E se non chegase a temer que non fose do voso agrado, a fe que o fixera".

En oíndo estas palabras e vendo lampexar os ollos da dama, como non era un paspán, foille cos brazos abertos e díxolle: "Señora, cando penso que desde hoxe podo dicir que estou vivo gracias a vós e cando miro para onde me sacastes, grande ruindade sería a miña se eu non me amañase para facer calquera cousa que fose do voso agrado. Conque satisfacede o voso gusto de abrazarme e de bicarme, que eu vos hei de abrazar e de bicar de boa gana."

Despois destas, non se precisou de máis palabras. A dama, que ardía toda en amnoroso desexo, botouse nos seus brazos axiña, e logo que, apertándoo desexosa, mil veces o bicou e outras tantas foi bicada por el, erguéndose dalí, foron á cámara, e, sen demora ningunha, deron plena satisfacción aos seus desexos, e moitas veces, antes de abrir o día. Pero, logo que a alba apareceu, e cando a dama quixo, erguéndose para que aquilo non fose sospeitado por ninguén, dándolle unha roupa moi ruin e enchéndolle a bulsa de cartos, pregándolle que gardase a lingua, mostrándolle o camiño que debía seguir para atopar dentro o seu criado, sacouno por aquela portela por onde entrara.

El, xa medrado o día, facendo como que viña de lonxe, abertas as portas, entrou no castelo e atopou o seu criado. De maneira que, vestíndose coa roupa que levaba no seu gornimento, e cando xa quería montar o cabalo do criado, ocorreu case por milagre divino que os tres malfeitores que o roubaran a noite anterior foran presos por outra falcatruada cometida pouco despois e conducidos ao castelo. E, por confesión deles, foille restituido o seu cabalo, a roupa e mailo diñeiro, e só perdeu un par de cinguidoiros, dos que os pillabáns non sabian que se fixera. Así que Rinaldo, agradecendo a Deus e a San Xilián, montou no cabalo e voltou para casa san e salvo. E os tres malfeitores, ao outro día,

Andreuccio de Perusa, indo a Nápoles a mercar cabalos, nunha noite por sobrevéñennlle tres casos graves, e, librándose de todos, volta para casa cun rubí.

Houbo en Perusa, seica, un mozo de nome Andreuccio di Pietro, que era tratante de cabalos; o cal, como oíra dicir que en Nápoles había unha boa feira, meteu na bulsa quiñentos floríns de ouro, e, malia non ter saído nunca da casa, marchou para alá con catro feirantes; e, chegado un domingo contra a tardiña, informado polo seu hóspede, foi á mañá seguinte á feira, e viu moitos, e gustou de bastantes, e cada vez foi tendo máis tratos, pero ao non poder pechar ningún, para facer ver que quería comprar, por ser torpe e pouco prudente, sacou ante os viadantes a bulsa dos floríns. E estando nestas, mostrando a súa bulsa, ocorreu que unha moza siciliana, fermosísima, pero disposta a compracer a calquera home por pouco prezo, pasou sen máis á súa beira e viu a súa bulsa; e, nun súpeto, tivo para si: ¿A quen aproveitaban eses cartos mellor cá min?“, e seguiu camiño. Coa tal moza andaba unha vella, tamen siciliana, a cal, cando viu a Andreuccio, deixando ir á moza, correu garimosamente a abrazalo. A moza, ao ver tal, sen dar fala, esperouna a parte. Andreuccio virouse para a vella e recoñeceuna, cumprimentouna moito, e logo dela lle prometer que había de ir visitalo á pousada, sen máis parola, partiu, e Andreuccio voltou aos seus tratos. Pero nada mercou aquela mañá. A moza que, de primeiras, observara a bulsa de Andreuccio e, despois, a confianza entre el e maila súa vella, a fin de mirar se podía atopar algún xeito de ter todos aqueles cartos, ou parte deles, comezoulle a preguntar cautelosamente quen era el e de onde, que facía alí e de que o coñecía. Ela faloulle da vida de Andreuccio con tanta demora coma el mesmo lle tería falado; que tratara moito a seu pai en Sicilia longo tempo, e despois en Perusa; e contoulle tamén onde paraba e a que viñera. A moza, totalmente informada do parentesco e da liñaxe, baseou sobre aquilo o seu plano para satisfacer a súa apetencia cunha maña subtil; e, xa na casa, puxo á vella a laboricar o día todo, para que non puidese ir onda Andreuccio; e por medio dunha criadiña, á cal adestrara moi ben para estes oficios, mandouna contra a noitiña á pousada onde Andreuccio paraba. En chegando, atopou a el mesmo, e só, cabo da porta, e por el mesmo preguntoulle. E ao dicirlle que era el, levándoo a parte, dixo: "Señor, unha xentil dama desta terra falaríavos de bo grado, cando vos prouguer". El, ao escoitala, reflexionando e crendo ser un mozo ben plantado, figurouse que tal dama debía estar namorada del, como se non houbese daquela en Nápoles outro mozo tan garrido, e prestamente respondeu que estaba disposto, e preguntoulle que onde e cando esa dama lle quería falar. “Señor, cando vos praza vir, espéravos na súa casa." Andreuccio, de contado, e sen avisar na pousada, respondeu: “Anda, vai indo ti diante, eu sígote."

Desta maneira, a criadiña conduciuno cabo dela, que vivía nunha bisbarra chamada Malpertugio1, e o propio nome indica a súa decencia. Pero el, non sabendo nin sospeitando nada disto, coidando que ía a un lugar honestísimo e cabo dunha muller honrada, sen pensalo, coa criadiña diante, entrou na súa casa; e tan logo subiu e a criada chamou pola señora, dicindo “velaquí Andreuccio”, viuna asomar no cabo da escaleira, a esperalo.

Era bastante nova aínda, de alta feitura e belísimo rostro, vestida e enfeitada con bastante decoro.

Cando Andreuccio se achegou, ela foi ao seu encontro baixando tres degraos cos brazos abertos e cinguiulle o pescozo sen dar fala durante un anaco, como coutada por unha excesiva tenrura; despois, bagoando, bicouno na testa, e con voz un algo crebada, dixo: “Oh meu Andreuccio, benvido sexas“.El, marabillado ante tanto agarimo, respondeu: ”Señora, sede vós a ben achada“. Ela, de seguido, colleuno da man e levouno para arriba, á súa sala, e desde esta, sen dar fala, entrou con el na alcoba, que recendía toda a rosas e a flor de azar e outros aromas, onde el viu un fermosímo leito encortinado, e moita roupa nos traveseiros, segundo o costume de alá, e ben fermosos e ricos aparellos; polo que, como era besbello, creu firmemente que debía ser, cando menos, unha gran dama. E en sentando ambolosdous sobre unha caixa que había ao pé do leito, comezoulle a falar así:”Andreuccio, ben certa estou de te pasmares cos meus afagos e coas miñas bágoas, dado que non me coñeces, nin por acaso oíches falar de min: pero axiña has oír unha cousa que te ha deixar máis pasmado aínda: eu son a túa irmá. E dígoche que, posto que Deus me fixo a mercé de que eu vise antes de morrer a algún dos meus irmáns, aínda que eu desexo vervos a todos, calquera que for a hora da miña morte, morrerei consolada; e se ti nunca oíches isto, voucho contar eu.

Pedro, meu pai, que é tamén o teu, viviu longo tempo en Palermo, e a causa da súa bondade e xentileza, foi, e é aínda, moi amado de aqueles que o coñeceron; pero, entre estes, foi miña nai, muller nobre que daquela era viuva, quen máis o amou; tanto que, vencendo o medo ao seu pai e á súa nai, así como ao seu honor, de tal xeito fraternizou con el, que nacín eu, e aquí me tés. Despois, como lle cadrara a Pedro partir de Palermo e voltar a Perugia, deixoume a min, cativa, coa miña nai, e xa non se lembrou máis dela nin de min, seica. O que eu, se non chega a ser meu pai, ben que llo recriminaba, considerando a ingratitude mostrada coa miña nai (para non falar do amor que debía sentir por min, súa filla, non nada de criada nin de muller vil), a cal, movida por un amor fidelísimo, puxera as súas cousas e maila súa persoa nas mans del, sen, para máis, saber quen era.. Pero, que se lle vai facer. As cousas mal feitas e ocorridas hai moito tempo son máis doadas de recriminar que de enmendar; pero así foi a cousa. Deixoume, cativa, en Palermo, onde, medrada case como son, miña nai, que era muller rica, deume por marido a un de Agrixento, nobre e home de ben, que por amor á miña nai e a min se veu vivir a Palermo. E aquí, como todo aquel que era moi güelfo, comezou a tratar co noso rei Carlo. O que, oído polo rei Federigo antes de que se puidese levar a cabo, foi a causa de fuxirmos de Sicilia, cando xa eu esperaba ser a maior dama que nunca houbera nesa illa; e así, collidas as poucas cousas que coller puidemos (e digo poucas en relación coas que alí tiñamos), deixando terras e pazos, refuxiámonos nesta terra, onde o rei Carlo se mostrou tan agradecido que nos resarciu en parte dos danos por el sufridos, e deunos herdos e casas, e da sen cesar ao meu marido, que é teu cuñado, boas gratificacións, como aínda has poder ver. E desta maneira estou aquí, onde, por mercede de Deus e non túa, meu doce irmán, te vexo".

E así dicindo, volveuno abrazar, e bagoando tenramente aínda, bicouno na testa.

Andreuccio, ao escoitar esta fábula, tan ben ordenada e composta por ela, á cal nin por un momento lle morría a palabra entre os dentes nin balbucía, e lembrando que era certo que seu pai estivera en Palermo, e coñecendo por si mesmo os costumes dos mozos, que de bo grado aman na xuventude, e vendo as tenras bágoas, os abrazos e os bicos honestos, tivo máis que por verdade o que ela dicía. E, mal calou, respondeulle: "Señora, non vos debe parecer estraño que eu me pasme, pois, abofé, nin meu pai, por calquera razón, falou nunca da miña nai nin de vós, nin, se falou, non me chegou noticia ningunha, nin ningunha coñecenza tiña, como se non existísedes; é éme tanto máis querido tervos aquí como irmá encontrada canto só estou e menos esperaba isto. E, de certo, eu non coñezo home de tan alta condición do cal non poidades ser querida, e menos de min, que son humilde mercador. Pero prégovos que me esclarezades unha cousa: ¿como soubestes quen era eu?

Ao cal ela respondeu: "Fíxome sabedora esta mañá unha pobre muller que anda moito sempre por aquí, pois, segundo conta, estivo co noso pai durante longo tempo, tanto en Palermo como en Perugia; e de non ser que me parecía máis honesto que ti viñeses cabo de min á túa casa que eu onda ti a casa allea, hai xa un bo pedazo que eu te tería visitado.

Logo destas polabras, comezou a preguntar por tódolos seus parentes un o por un, e polos seus nomes, a todo o cal contestou Andreuccio, acreditando aínda naquilo no que menos necesitaba acreditar.

Sendo a conversa longa e grande a calor, ela mandou traer viño grego e confeitos, e deu de beber a Andreuccio; o cal, despois, quixo partir, pois era a hora da cea, pero ela non o consentiu en absoluto, senón que, poñendo cara de forte turbación, abrazándoo, dixo: - ¡Ai de min, que ben vexo o pouco que me queres! ¡Mira que estar cunha irmá que nunca viras , e na súa casa, onde debías terte acollido, e querer saír dela para ir cear á pousada! Abofé que has cear comigo; e aínda que o meu marido non estea, que moito me pesa, eu ben saberei, por ben que muller, facerte honor.

Ao que Andreuccio, non sabendo responder outra cousa, dixo: "Eu quérovos tanto como se debe querer a unha irmá, pero, se non vou, han agardar por min toda a noite, e serei descortés".

Entón, dixo ela: "¡Así Deus me salve se eu non teño na casa a alguén a quen mandar a dicir que non te esperen! Aínda que era maior cortesía, e mesmo o teu deber, chamares aos teus compañeiros para cear aquí, e despois, no caso de quereres marchar, podíades ir todos en boa compaña.

Andreuccio respondeu que aquela noite non quería andar cos compañeiros, pero que, con todo, se era de seu grado, fixese del como lle prouguer. Entón ela finxiu que encargaba dicir na pousada que non fose esperado; e despois, logo de moita parola, sentados á mesa e servidos espléndidamente con moitas viandas, ela, arteiramente, fixo que a cea se demorase ata ben alta noite. E erguidos xa da mesa, e querendo Andreiuccio partir, dixo que non o consentía de ningunha maneira, porque Nápoles non era cidade para ruar de noite, e menos un forasteiro; e que así como mandara a dicir que non fora esperado para a cea, tamén fixera o mesmo canto á durmir. El creullo, e compracéndolle, enganado pola falsa crenza, estar con ela, ficou. Así que latricaron por extenso, despois da cea, sobre moitos asuntos, e, pasada unha parte da noite, ela, tan logo deixou durmindo a Andreuccio na súa cámara, cun rapaciño que o axudase se precisaba de algo, marchou para outra cámara coas súas criadas.

Ía moita calor. Polo que Andreuccio, ao verse só, espiuse rápidamente do xibón, quitou os calzóns e púxoos na cabeceira da cama; e, requerido polo hábito natural de ter que dispor do superfluo peso do ventre, preguntoulle onde se facía iso ao rapaz, quen, a un canto da cámara, lle sinalou unha porta, e díxolle: "Entrade aí". Así que pasou Andreuccio confiadamente, deu en poñer o pé sobre unha táboa, que pola outra banda estaba descravada da vigueta na que se apoiaba, polo que, ao se erguer dita táboa, foron os dous xuntos para abaixo. E tanto Deus o amou, que non se fixo mal ningún na caída, e iso a pesar da altura; pero lixouse todo da porquería que enchía o lugar. E para que mellor entendades o que se dixo e o que segue, explicareivos como era ese lugar. Había nun calello estreito, deses que a miudo vemos entre dúas casas, sobre dúas viguetas, postas entre unha e outra, algunhas táboas descravadas, e sobre elas o asento. De tales táboas, unha era aquela que caeu con el.

Cando Andreuccio se achou aló embaixo no calello, consternado polo caso, comezou a chamar ao rapaz; pero o rapaz, así que o oíu caer, correu a dicirllo á señora, a cal, correndo á súa cámara, buscou con presteza a súa roupa alí. E tendoa atopado, e con ela o diñeiro, que el, por desconfiado, neciamente levaba sempre encima, e obtido aquilo para o que unha de Palermo, finxíndose irmá dun perugino, tendera o lazo, non preocupándose máis del, pechou a porta por onde el saíra cando caera.

Ao non lle responder o rapaz, Andreuccio berrou máis forte; pero non lle serviu de nada. De xeito que, posto en sospeita e cheirando xa o engano, subindo a un muro baixo que afastaba aquel calello da rúa e logo de baixar a esta, achegouse á porta da casa, que el ben recoñeceu, e chamou un longo anaco en van, e moito a abalou e petou.nela. Polo que, laiándose como aquel que ve clara a súa desventura, exclamou: "¡Ai coitado de min, en que pouco tempo perdín quiñentos floríns e máis unha irmá!"

E logo doutras moitas palabras, púxose de novo a bater na porta e a berrar; e tanto teimou que moitos dos veciños circundantes, espertos, non podendo sufrir a molestia, se ergueron; e unha das criadas da señora, finxíndose toda somnolenta e asomando á ventá, dixo reprobadoramente: "¿Quen peta aí abaixo?"

"Ei", dixo Andreuccio, "¿e logo non me coñeces? Eu son Andreuccio, irmán da señora Fiordaliso." Ao que ela respondeu: "Bo home, se bebiches de máis, vaina durmir e volve mañá; eu non sei que Andreuccio nin que chacotas son esas que ti falas; vai embora e déixame durmir, por favor. "¿Como?", dixo Andreuccio; "¿non entendes o que eu digo? Abofé que entendes. Pero se os parentes de Sicilia son deste cariz, que esquecen tan axiña, devólveme alomenos a miña roupa, que deixei aí, e eu irei con Deus de bo grado. Ao que ela, case rindo, dixo: "Bon home, ben sei que estás a soñar". E dicir tal, meterse dentro e pechar a ventá foi a mesma cousa.

De onde Andreuccio, xa certísimo do seu mal, a piques estivo, coa dor, de converter en rabia a súa grande ira, e propúxose reclamar mediante aldraxe o que non podía recuperar con palabras; e, no intre, collendo un pedrolo, deu en bater bravamente a porta con ben maiores pancadas que antes. Co cal, moitos veciños xa espertos e erguidos, crendo que era algún tipo molesto que finxía estas palabras para anoxar aquela boa muller, levados eles mesmos a anoxo por aquel batedoiro, asomados á fiestra, non doutro xeito que a un can forasteiro lle ladran os da comarca, puxéronse: "É unha desvergoña vir a esta hora onda unhas boas mulleres falando tales chacotas; anda, vai con Deus; déixame durmir, bon home, fai o favor. E se tes algún trato con ela, volve mañá e non nos deas a roncha esta noite".

Animado tal vez por estas palabras un que había na casa, alcaiote da boa muller, ao cal nin vira nin oíra, asomou á ventá, e cun voceirón fero e horrible, dixo: "¿Quen anda aí embaixo?". Andreuccio, erguendo a testa a esa voz, viu a un que, polo pouco que puido comprender, parecía un gran bacharel, cunha barba moura e mesta na cara e que, como saíndo do leito ou dun profundo sono, bocexaba e esfregaba os ollos; ao cal el, non sen medo, respondeulle: "Son un irmán da muller que está aí dentro".

Pero el non agardou a que Andreuccio acabase a resposta, senón que, aínda máis rexo ca antes, dixo: "Eu non sei como me teño quedo e non baixo e non che dou tantos paos que non poidas moverte, burro, encordiante e borracho , que esta noite non has deixar durmir a ninguén". E, meténdose para dentro, pechou a fiestra.

Alguns dos veciños, que coñecían mellor a condición del, falándolle polo baixo a Andreuccio, dixeron:: "Por Deus, bo home, vaite con Deus, se non queres morrer aí esta noite; vaite polo teu ben".

E Andreuccio, asustado pola voz deste e polo seu cariz, e incitado polos consellos de aqueles, os cales lle parecía que falaban movidos a caridade, doído como ninguén e sen esperanza de dar co seu diñeiro, colleu o camiño de volta á pousada por aquela banda onde seguira á criada, sen saber a onde ía. E disgustado polo fedor que el mesmo desprendía, desexoso de chegar ao mar para lavarse, virou a man esquerda e subiu por unha rúa, chamada Catalana. Indo cara ao alto da cidade, viu por acaso a dous que viñan cara a el cun farol na man, e, receando non fosen da garda da corte ou xente disposta a facer o mal, para eludilos, acubillouse silandeiramente nunha casoupa próxima . Pero eles, como se mesmamente se dirixisen a aquel lugar, entraron na casoupa. E un, descargando uns ferros que levaba ao lombo, púxose a miralos co outro, e comentou varias cousas verbo deles.

E en tanto falaban, dixo un: "Arre demo. Nunca na vida me cheirou tan mal". E, dito isto, erguendo un algo o farol, puido ver o coitado de Andreuccio, e pasmado, preguntou: "¿Quen está aí?"

Andreuccio calaba, pero eles, achegándose co lume, preguntáronlle como se lixara tanto; Andreuccio contoulles polo miudo o que lle acontecera. Eles, imaxinando onde lle podía ter ocorrido, dixéronse para si: "De certo que iso foi na casa do galafate Buttafuoco".

E voltándose, díxolle un: "Bon home, malia ter perdido o teu diñeiro, ben lle podes agradecerlle a Deus aquel caso de caeres e de non poderes volver entrar na casa; pois, se non chegas a caer, está certo de que, tan logo adormeceres, matábante e, xunto co diñeiro, perdías a vida. Pero, ¿de que vale lamentarse? Ías ter o diñeiro como as estrelas do ceo. E ben podías estar morto se el oe que deches parola".

E dito isto, aconsellándose entre si, dixeron: "Mira, sentimos pena de ti; así que se queres facer connosco unha cousa, estamos certos de que che ha tocar en parte moito máis do que perdeches." Andreuccio, como estaba tan desesperado, respondeu que estaba disposto.

Fora sepultado ese día un Arcebispo de Nápoles, chamado micer Filippo Minutolo, e fora sepultado con riquísimos ornamentos e cun rubí no dedo, que cal valía máis de quiñentos floríns de ouro e que estes querían roubar. E así llo fixeron saber a Andreuccio, polo que, máis cobizoso que ben aconsellado, púxose canda eles en camiño. E indo cara a igrexa maior, como Andreuccio fedía moito, dixo un: "¿Non podíamos atopar nós a maneira de que este se lavase un pouco onde sexa, para que non feda tan bravamente?". Dixo o outro: "Si. Aquí preto hai un pozo no que soe estar sempre a roldana e un balde grande; imos alí e lavámolo nun santiamén."

En chegando ao tal pozo, viron que a soga estaba, pero que o balde o levaran. Así que decidiron amarralo coa soga e metelo no pozo para que se lavase aló embaixo, e tan logo estivese limpo, tirase da soga e eles o subisen; e tal fixeron.

Ocorreu que, estando xa dentro do pozo, uns gardas da señoría, como tivesen sede ben a causa da calor ben por correren detrás de alguén, foron beber ao pozo. Cando aqueles dous os viron, liscaron de contado, sen que os gardas os chegasen a ver. Lavado xa Andreuccio no fondo do pozo, moveu a soga. Os outros, sedentos, deixando no chan os escudos, as armas e as túnicas, puxéronse a tirar da soga, pensando que o balde cheo de auga estaba suxeito por ela. Cando Andreuccio se viu preto do peitoril, así, ceibando a soga, agarrou nel coas mans. Os outros, ao veren isto, presos polo pánico, sen falar nin chío, deixaron a soga e correron a máis non dar. Do cal marabillouse Andreuccio, e se non chega a estar ben suxeito, caía ao fondo de novo, non sen gran dano ou, tal vez, a morte. Pero logo de ter saído e atopado aquelas armas, que sabía que non as trouxeran os seus compañeiros, marabillouse aínda máis. Pero dubidando e non sabendo que facer, laiándose da súa fortuna, sen tocar nada, decidiu marchar dalí. E andaba sen saber a onde ir. Nestas, topou con aqueles compañeiros, que viñan sacalo do pozo. E, ao velo, preguntáronlle pasmados quen do pozo o sacara. Andreuccio respondeu que non sabía e contoulles ordenadamente o que acontecera e o que atopara fóra do pozo.

Eles, advertindo como fora a cousa, contáronlle rindo por que escaparan e quen foran aqueles que o sacaran. E sen dar máis fala, sendo xa medianoite, foron para a igrexa maior, e entraron nela moi doadamente, e foron ao sartego, que era de mármore, e moi grande, e cos seus ferros ergueron a tapa, que era pesadísima, tanto que puidese entrar un home, e esteárono.

E, feito isto, púxose un: "¿quen se mete?". Ao cal o outro respondeu: "Eu non".

"Eu tampouco", dixo aquél, "pero que se meta Andreuccio."

"Iso eu non o fago", dixo Andreuccio.

E voltándose ambolos dous a el, dixéronlle: "¿Como que non te metes? Abofé que, se non entras, habémosche dar tantos paos na cabeza cun destes ferros, que has caer morto.

Andreuccio, asustado, entrou, e, mentres entraba, tivo para si: "Estes fanme entrar para enganarme, pois, cando lles dea todo, no tempo no que eu tente saír do sartego, han marchar aos seus lerios e eu hei quedar sen nada." E por iso, primeiro que nada, decidiu arrombarse a súa parte; e lembrando o rico anel do que lles oíra falar, así que baixou, tiroullo do dedo ao Arcebispo e púxoo el; e, despois, dándolles o báculo, a mitra e as luvas, e despíndoo ata a camisa, deulles todo dicindo que non había máis. Eles, afirmando que tiña que estar o anel, dixéronlle que buscase por todas partes; pero el, respondendo que non o atopaba, e facendo como que o buscaba, tívoos un pedazo á espera. Eles que, por outra banda, eran tan maliciosos coma el, dicíndolle que, con todo, seguise buscando, en tempo, tiraron o esteo que sostiña a tapa do sartego e, fuxindo, dentro do sartego deixárono encerrado. O que, sentido por Andreuccio, calquera pode figurarse como quedou entón.

Tentou moitas veces erguer a tapa coa cabeza e cos ombreiros, mais cansaba en van. E, vencido por forte dor, esmorecendo, caeu sobre o corpo morto do Arcebispo. E quen entón o vise, mal coñecería quen estaba máis morto, se o Arcebispo ou el. Pero, cando acordou, púxose a chorar desconsoladamente, véndose alí chegar, sen dúbida, a unha de dúas fins: ou ben a morrer naquel sartego, se non viña ninguén a abrilo, de fame e do fedor entre os vermes do corpo morto, ou, vindo alguén e atopándoo alí dentro, a ser aforcado por ladrón. E en semellantes pensamentos estando, e moi aflixido, oíu que andaba a xente pola igrexa e falar moitas persoas, as cales, segundo sospeitaba, viñan facer aquilo que el xa fixera cos compañeiros; polo que lle medrou o medo. Pero, cando tiveron o sartego aberto e esteado, puxéronse a porfiar sobre quen debía entrar, e ninguén quería facelo. Con todo, despois de longa tirapuxa, un crego dixo: "¿E logo que medo tendes? ¿Coidades que vos vai comer? Os mortos non comen os homes, vou entrar eu". E así dicindo, pondo o peito no borde do sartego, virou a cabeza para fora e mandou as pernas para dentro a fin de deslizar para baixo. Andreuccio, ao velo, erguéndose, colleu ao crego por unha perna e fixo como que tiraba del. Sentindo isto o crego, botou un enorme berro e nun brinco saiu do sartego. Polo que tódolos mais, abraiados, deixando o sartego aberto, de igual modo comezaron a fuxir, como se os perseguisen cen mil demos.

Ao ver isto Andreuccio, alegre en contra do que esperaba, botouse fóra súpeto e por onde viñera saíu da igrexa. E xa achegándose o día, andando ao chou co anel no dedo, chegou á mariña, e desde aquí voltou á súa pousada, onde atopou os seus compañeiros e mailo pousadeiro, que estiveran pendentes del durante toda a noite. Ao lles contar o que lle acontecera, pareceulle, por consello do seu hospedeiro, que debería saír de Nápoles, cousa que fixo de contado. E voltou a Perugia, logo de ter invertido o seu diñeiro nun anel, cando fora para mercar cabalos.

(Xornada 2ª, nov. 5ª)

Masetto de Lamporecchio faise o mudo e convírtese en hortelán dun mosteiro de freiras, tódalas cales acoden a se deitar con el.

Nesta nosa bisbarra houbo, e aínda hai, un mosteiro de freiras moi afamado pola súa santidade, e que non vou nomear para non rebaixar nin chisco a súa fama, no cal, non hai moito tempo, só vivían nel oito freiras cunha abadesa, todas mozas, e era hortelán do seu fermosísimo xardín un bo homiño que, descontento co seu salario, logo de facer contas co administrador das freiras, voltou para Lamporecchio, de onde era natural. Aquí, entre os que alegremente o recibiron, estaba un labrego forte e robusto, e, para ser labrego, con fermoso cariz e cara moi agradábel, do que o nome era Mesetto; o cal preguntoulle onde estivera tanto tempo. O bo do home, que se chamaba Nuto, díxollo, e Masetto preguntoulle en que traballara no mosteiro.

Ao que Nuto respondeu: "Eu traballaba no xardín delas, cumprido e bonito, e, ademais, ás veces, ía ao bosco pola leña, sacaba auga do pozo e facía outros pequenos traballos. Pero as freiras dábanme un salario tan pequeno que case non me podía pagar o calzado. E, ademais, sonche moi novas, elas, que seica teñen o demo no corpo, pois non se fai nada ao seu gusto. Así, cada vez que eu sachaba no horto, unha dicía: "Pon isto aquí", e a outra: "Pon aquilo acolá", e outra tirábame o sacho da man e dicía: "Isto non está ben", e tanto me amolaban, que eu deixaba o traballo e marchaba do horto, así que, entre unha cousa e outra, non quixen seguir, e víñenme. E, antes, pediume o administrador que se eu tiña alguén a man que servise para aquilo, llo mandase, e eu prometinllo. Pero así Deus o libre do mal de riles, que eu non lle hei procurar nin mandar ninguén".

Cando oíu estas palabras de Nuto, entroulle a Masetto un desexo tan grande de estar con estas freiras que eslumecía todo, ao deducir das palabras de Nuto que el podía tirar proveito do que desexaba. E decatándose que non o lograría se lle dicía algo a Nuto, díxolle: "¡Ai ho, fixeches ben en te vires! ¿Que lle aproveita a un home estar entre mulleres? Mellor sería estar co demo, que, de sete veces, seis non saben nin o que elas mesmas queren".

Pero logo, rematada a conversa, púxose a cismar Masetto sobre o camiño que debía seguir para estar con elas. E como el sabía que podía facer ben o traballo que Nuto dicía, dubidou que puidese ser rexeitado por iso, pero temeu non ser admitido porque era novo e gallardo. Polo que, logo de moito cismar, imaxinou: "O lugar está bastante lonxe e alí ninguén me coñece. Se eu fago como que son mudo, abofé que hei de ser recibido".

E aferrándose a esta imaxe, con só un machado ao lombo, sen dicir a ninguén a onde ía, a maneira dun coitadiño, foi para o mosteiro. Onde, ao chegar, entrou e atopou por acaso no patio ao administrador, ao cal, acenándolle como fan os mudos, deulle a entender que lle pedía comida polo amor de Deus e que, se precisaba, lle cortaba leña. O administrador deulle de comer con gusto, e, despois, púxolle diante uns cañotos que Nuto non poidera cortar, tódolos cales el, que era moi forte, ao pouco tempo deu cortado. O administrador, que precisaba de ir ao bosco, levouno consigo, e fíxolle cortar a leña. Despois, púxolle o burro diante e deulle a entender con acenos que o levase para casa. Fixo isto moi ben, de xeito que o administrador, para que lle fixese outras necesidades, tívoo máis dias consigo. Polo que aconteceu que a abadesa o viu un día e preguntoulle ao administrador quen era.

Díxolle: "Señora, évos un pobre mudo e xordo, que veu un día destes pedir esmola, de maneira que eu o amparei, e mandeille facer moitas cousas das que había necesidade. Se el soubese traballar no horto e quixese ficar, openso qyue había facernos un bo servicio, pois el ten necesidade de nós, e é forte, e e había de poder facer todo o que se precisa. E, ademais, non habería que aquelarse de que chancease coas vosas mozas".

Ao cal dixo a abadesa: "¡Ben falaches! Mira a ver se sabe labrar e amáñate para retelo. Dalle un par de zapatos, un capucho vello, e afágao, faille lisonxas, dalle ben de comer".

O administrador dixo que o había facer. Masetto non estaba moi lonxe e, facendo como que varría o patio, oía todas estas palabras, e dicía para sí, ledo: "Se vós me metedes aí dentro, heivos de labrar o horto como nunca se labrou."

Conque, vendo o aministrador que sabía labrar moi ben e preguntándolle con acenos se quedía quedar alí, e respondéndolle con acenos que faría o que el quixese, así que foi aceptado, mandoulle que labrase o horto e mostroulle o que tiña que facer. Despois marchou para outros asuntos do mosteiro e deixouno alí. E, mentres sachaba un día tras outro, comezaron as freiras a molestalo, e a monearse del, como a miudo fan os máis cos mudos, e dicíanlle as palabras máis perversas, crendo que non as entendía. E a abadesa, que se cadra pensaba que, ao non ter fala, tampouco tiña rabo, pouco ou nada se aquelaba por iso.

Pero un día ocorreu que, estando a descansar logo de ter traballado moito, dúas freiras novas, que andaban polo xardín, achegáronselle e, como se fixese o durmido, puxéronse a mirar para el. E unha, que era algo máis ousada, díxolle á outra: "Se eu soubese que me gardaba-lo segredo, contábache un pensamento que teño moitas veces e que, se cadra, che había aproveitar."

A outra respondeu: "Fala con confianza, que non llo conto a ninguén".

Entón, a atrevida dixo: "Eu non sei se ti te decataches de como nos teñen vixiladas, e de que ningún home ousa entrar aquí, agás o administrador, que é vello, e máis este mudo. E eu oínlles dicir a moitas mulleres que teñen vido cabo de nós que tódalas dozuras do mundo son unha chanza comparadas a cando a muller usa do home. Polo que máis dunha vez pasoume polo maxín que, posto que con outro non podo, podía probar con este mudo. E ninguén do mundo mellor ca el, porque, aínda que quixese, non o había poder nin saber contar. Ben ves que é un mozarrón aparvallado, con máis corpo ca siso. De boa gana escoitaba o teu parecer".

"¡Ai de min!", dixo a outra, "¿que estás a dicir? Ti non sabes que lle prometemos a Deus a nosa virxindade?"

"¡Bah!", dixo aquela, "cántas cousas non se lle prometen tódolos días, que logo nunca se cumpren! Se nós lle prometemos esta, que atopen a outra, ou a outras, que lla cumpran. Ao que a compañeira dixo: "E se empreñamos ¿que habemos facer?"

Respondeu a outra: "Non comeces a pensar no mal antes de que chegue". Cando iso ocorra, entón xa veremos. Haberá mil maneiras de facer que non se saiba nunca, sempre que nós mesmas esteamos caladas". Cando isto oíu, xa máis gorentosa cá outra de probar que caste de animal é o home, dixo: "Daquela, ¿que facemos?"

Ao que a outra respondeu: "Ti ves que son case as tres. Eu creo que as irmás están todas deitadas, menos nós. Miremos polo horto se hai alguén, e, se non hai, ¿que habemos facer senón agarralo da man e levalo a esta cabana onde se resgarda da chuvia, e mentres unha estea aí dentro con el, a outra vixile? É tan parvo que se ha acomodar ao que nós queiramos".

Masetto escoitaba todo este razoamento e, disposto a obedecer, xa lle tardaba ser preso por unha delas. E logo de mirar ben por aquí e por acolá, e observando que non podían ser vistas desde ningures, achegándose a Masetto a que falara por primeira vez, espertouno, e el púxose en pé de contado. Conque ela, cun aquel aloumiñeiro, colleuno da man, e, entre risas del un algo babecas, conduciuno á cabana, onde Masetto, sen facerse rogar de máis, fixo o que ela quixo. A cal, como legal compañeira, atinguido o que quería, deullo logo á outra, e Masetto, facéndose o parvo, fixo tamén o que quixo. Polo que, antes de marcharen, cada unha desexou probar máis dunha vez como sabía o mudo cabalgar. E despois, parolando entre elas, comentaron que era ben doce cousa aquela, tal como oíran, e mesmo máis. E, aproveitando as ocasións propicias, iían rebuldar co mudo.

Ocorreu un día que unha compañeira, reparando na cousa desde un chinelo da súa cela, sinalóullela a outras dúas. E, de primeiras, fixeron mentes de iren xuntas cabo da abadesa, pero logo, mudando de parecer, e confabuladas con aquelas, convertéronse en parteiras da herdade de Masetto. E a estas, as outras tres, acompañáronas en varias ocasións. Por último, a abadesa, que aínda non se decatara, paseando toda soa polo xardín un día de moita calor, atopou Masetto, o cal cansaba de día co maís mínimo esforzo, a causa de tanto cabalgar de noite, durmindo á sombra dunha amendoeira; e, como o vento lle erguera a roupa de diante, estaba todo descuberto. E cando a señora viu tal, véndose soa, caeu na mesma apetencia cás outras freiriñas. E, espertado Masetto, levouno consigo á súa cela, onde o tivo varios días, con grandes queixumes das freiras, pois o hortelán non viña labrar o horto, probando e volvendo probar aquela dozura, cousa que antes ela soía censurar ás outras.

Por fin, tras devolvelo desde a cela ao seu cuarto e reclamalo moi a miudo, querendo del máis ca unha parte, ao non poder Masetto satisfacer a todas, advertiu que o de ser mudo lle había de causar un grande mal. E, por iso, unha noite que estaba coa abadesa, rompendo a falar, dixo: "Señora, teño oído dicir que un galo lle chega ben a dez galiñas, pero que dez homes mal poden, e con traballo, satisfacer unha muller, e a min tócame servir a nove; así que por nada do mundo poderei aturar isto, e eu menos ca ninguén, que, polo que fixen ata agora, a tal punto cheguei que non podo facer nin pouco nin moito. E, por iso, ou deixádesnme ir con Deus, ou atopádeslle xeito a todo isto."

Cando a señora oíu falar a quen tiña por mudo, pasmouse toda, e dixo: "¿E logo? Eu cría que ti eras mudo". "Señora", dixo Masetto, "ben o era, pero non por natureza, senón por unha enfermidade que me levou a fala, e só esta noite por primeira vez sinto que me é devolta, polo que louvo a Deus de todo corazón".

A señora deulle creto e preguntoulle que quería dicir iso de que servía a nove. Masetto contoulle o caso. De onde, oído pola abadesa, decatouse esta que non había freira que non fose máis espelida ca ela. Así que, como era discreta, procurou a maneira de, sen deixar partir a Masetto, atoparlle xeito a todo isto, a fin de que o mosteiro non fose aldraxado. E como se finase aqueles días o administrador, con xeral consentimento, dando corda entre todas ao que fixeran por detrás delas mesmas, determinaron, con pracer de Masetto, que as xentes do arredor cresen que, polas súas oracións e polos méritos do santo so a advocación do cal estaba o mosteiro, a Masetto, que fora mudo durante moito tempo, lle fora devolta a fala, e nomeárono administrador. E repartiron as súas fatigas de maneira que as puido levar ben. E como con elas enxendrase moitos frailucos, procedeuse tan discretamente que nada se soubo ata a morte da abadesa, estando xa vello Masetto e desexoso de voltar rico para casa. O que, cando se soubo, fíxose cumprir de contado.

Así pois, o vello Masetto, rico e pai, sen necesidade de ter que alimentar aos fillos nin de gastar neles, logo de saber, pola súa agudeza, aproveitar ben a mocidade, voltou ao lugar de onde era cun machado ao lombo, afirmando que así trataba Cristo a quen lle puña os cornos sobre a coroa.

Un palafreneiro xaz coa muller do rei Axilulfo, do que Axilulfo é sabedor ás agachadas. Atópao e córtalle o pelo. O tonsurado tonsura a todolos outros e foxe así da má ventura.

Axilulfo, rei dos longobardos, estableceu a súa sede en Pavía, cidade da Lombardía, tal como fixeran os seus predecesores, e tomou por muller a Teudelinga, viuva de Autari, que tamén fora rei dos longobardos, a cal foi unha muller fermosísima, moi sabia e honesta, pero malpocada no amor. E transcorrendo as cousas dos longobardos prósperas e pacíficas mercé á virtude e o bo siso do tal Axilulfo, ocorreu que un palafreneiro da dita raíña, home de moi baixa condición por nacenza, pero, así e todo, moi superior a un oficio tan vil, e de aparencia garrida e corpulenta coma o rei, namorouse desmedidamente da raíña. E como o seu baixo estado non lle coutaba para recoñecer que este amor estaba lonxe de toda conveniencia, el, asisado, non llo declaraba a ninguén, nin tampouco a ela, cos ollos, ousaba descubrirllo. E aínda que vivía sen esperanza ningunha de lle gustar, vanagloriábase para si de ter posto en parte tan alta os seus pensamentos. E, como todo el ardía en amoroso lume, facía premeditadamente, máis que calquera dos seus compañeiros, todo aquilo que cría lle causaba pracer. Así, cando a raíña quería cavalgar, cavalgaba de mellor grado o palafrén que coidaba el ca ningún outro. E cando tal ocorría, el considerábao unha altísima gracia, e non se lle afastaba do estribo, téndose por feliz se algunha vez tocarlle a roupa podía.

Pero, como moi a miudo vemos que acontece, que canto menor se volve a esperanza, máis medra o amor, tal lle ocorría a este pobre palafreneiro, pois lle era penosísimo levar tan oculto o seu desexo, sen sentirse atado a ningunha esperanza; e máis dunha vez, non podendo librarse deste amor, determinou morrer. E matinando na maneira, decidiu que había de ser de xeito que se manifestase que era polo amor que lle tivera á raíña e profesaba, e propúxose que iso fose de tal modo que el tentase a fortuna para atinguir o seu desexo en parte ou en todo. E nada fixo por lle falar a raíña nin por lle declarar o seu amor mediante cartas, xa que sabía que llo había de dicir ou de escribir en van, pero quixo probar se, mediante unha maña, era quen de xacer con ela. Non había outra maña nin camiño que a de atopar o modo e maneira de que, na persoa do rei, que disque non durmía sempre con ela, puidese chegar a ela e entrar na súa cámara. Polo que, a fin de ver de que maneira e con que vestido ía o rei, cando ía cabo dela, agachouse de noite moitas veces nunha gran sala do pazo real, que estaba entre a cámara do rei e e da raíña. E unha noite viu ao rei saír da súa cámara envurullado nun gran manto e levando nunha man un facho aceso e na outra unha vara, e ir á cámara da raíña e, sen dar fala, petar unha vez ou dúas na porta da cámara coa vara, e abrirlle de contado e quitarlle o facho da man.

Vendo isto, e vendo que o rei voltaba coa mesma, pensou que el debía facer tal. E, despois de ter atopado a maneira de obter un manto semellante ao que lle vira levar ao rei e máis un facho e unha vara, e logo de se lavar ben mediante un baño quente, a fin de que non anoxase á raíña o cheiro a estrume nin a fixese reparar no engano, con estas cousas agachouse, como acostumaba, no salón. E cando oíu que xa todos durmían e coidou que xa chegara o momento de levar a efecto o seu desexo ou de ir, con alta probabilidade, á morte por que bremara, facendo un pouco lume coa pederneira e mailo ferro que trouxera consigo, prendeu o seu facho , e, ben tapado e envurullado no manto, dirixiuse á porta da cámara e petou dúas veces coa vara. A cámara foi aberta por unha doncela toda somnolenta e a luz tomada e ocultada; polo que el, sen dar nin chío, pasando para a outra banda da cortina e deixando o manto, entrou no leito onde a raíña durmía. Abrazouna con ansia, mostrándose irado, pois sabía que era costume do rei non querer oír nada, ao cando estaba irado. E sen dicir cousa ningunha, e sen que lle fose dita a el, coñeceu carnalmente á raíña varias veces. E aínda que lle pesaba marchar, temendo que a excesiva demora fose causa de converter o pracer obtido en tristura, ergueuse, e, apañando o seu manto e a luz, saíu sen dar fala, e voltou ao seu leito canto antes.

Mal chegara a este, cando o rei, erguéndose, dirixiuse á cámara da raíña, do que ela se marabillou moito. E logo de entrar el no leito e de saudála alegremente, ela, animada pola súa ledicia, díxolle: "Oh meu señor, ¿e logo que novidade é esta? Acabades de marchar e tomastes de min máis pracer do que adoitade, ¿como é que voltades tan axiña? Andade con tino.

O rei, cando oiu estas palabras, sospeitou de súpeto que a raíña fora enganada por unha semellanza na costume e na persoa, pero, como sabio, pensou súpeto que, pois vira que a raíña nin ninguén se deran de conta, non debería advertila; o que moitos parvos non farían, senón que dirían: "eu non estiven aquí; ¿quen estivo? ¿que pasou? ¿quen veu?".De onde habían de xurdir cousas que dsgustarían á muller e lle darían ocasión para desexar de novo aquilo que xa sentira; e o que, calando, ningunha vergoña lle podía causar, falando lle traería deshonor.

De maneira que o rei, máis turbado na mente que no rostro e nas palabras, respondeulle: "Señora, ¿non vos parezo home de abondo para estar aquí unha vez e para voltar outra aínda?

Ao cal a señora respondeu:

- Si, meu señor; pero, así e todo, prégovos que miredes pola vosa saúde.

Entón dixo o rei: "E práceme seguir o voso consello, así que, desta vez, sen molestarvos máis, voume.

E co ánimo xa cheo de ira e de mal talante por aquilo que vía lle fora feito, recolleu o seu manto, saíu da cámara e pensou que debía atopar en segredo a quen fixera aquilo, imaxinando que tiña que ser alguén da casa e que, calquera que for, non podía ter saído dela. Prendendo, pois, un chisco de lume nunha candea, foi a unha longuísima estancia que había no seu pazo sobre as cortes dos cabalos, na cal durmía toda servidume en varios leitos. E xulgando que, calquera que fose aquel que fixera o que dicía a súa muller, non lle lle podían aínda ter calmado o pulso ni os batidos do corazón a causa do prolongado afán, ás caladas, comezando por un dos cabos da estancia, púxose a tocarlles a todos no peito, poor ver se lles batía. Malia todos durmiren profundamente, o que estivera coa raíña non durmía aínda; polo que, ao ver o rei e reparando no que andaba a buscar, entroulle tanto medo que á batedela da fatiga se lle engadiu outra maior. E tivo ben seguro que, se o rei se decataba, faríao matar sen máis demora. E malia lle andar polas mentes varias cousas que podía facer, ao ver ao rei sen arma ningunha, decidiu facer como que durmía e esperar ao que o rei fixese. E logo de ter dado o rei moitas voltas sen atopar a ninguén que xulgase que fora el, achegóuselle, e sentindo que lle batía o corazón, dixo para si: "este é". Pero como non quería que se soubese nada daquilo que estaba a facer, non lle fixo máis que, cun par de tesouras que trouxera, cortarlle unha parte do pelo, que eles naquel tempo levaban moi longo, a fin de, con aquel sinal, recoñecelo ao outro día. E, feito isto, saiu e voltou para a súa cámara. El, que sentira todo aquilo, como era malicioso, comprendeu claramente por que fora marcado daquel xeito. Así que, sen máis, ergueuse, e collendo unhas tesouras, que por acaso na corte había para o servicio dos cabalos, dirixíndose á furto onda os que durmían, a todos lles cortou o pelo de forma semellante, por riba das orellas. E feito isto, sen ser oído por ninguén, volveuse deitar.

O rei, mal se ergueu á mañá, antes de se abriren as portas do pazo, comparecese diante del toda a servidume; e tal se fixo. E estando todos coas cabezas descubertas, púxose a miralos a fin de recoñecer a tonsura del. E ao ver que a maior parte deles levaba o pelo cortado de modo semellante, pasmouse, e tivo para si: "Este que eu estou a buscar, malia ser de baixa condición, demostra ter ben de agudeza". Despois, vendo que, sen alboroto, non podía obter aquilo que procuraba, non disposto a por unha pequena vinganza unha gran vergoña, próugolle cunha soa palabra amoestalo e facerlle ver que se decatara; e dirixíndose a todos, dixo: "Que o que o fixo, non o faga máis, e ide con Deus"."

Outro había de querer atormentalo, martirizalo, examinalo e interrogalo; e facendo isto, había de descubrir aquilo que todos tentan recubrir; e sendo descuberto, ainda tomando cumprida vinganza, non minguaría senón que crecería a súa vergoña, e tería lixado a honra da súa esposa. Os que escoitaron aquelas palabras asombráronse moito e durante longo tempo comentaron entre eles que era o que quería dicir o rei con aquilo. Pero non houbo ninguén que a entendese, senón só aquel a quen se dirixía. O cal, como sabio, nunca, mentres o rei viviu, o descubriu, nin volveu confiar a súa vida á Fortuna cunha acción tal.

Frei Alberto faille crer a unha dama que o anxo Gabriel está namorado dela, de, tomando a forma deste, xace con ela moitas veces. Despois, tras fuxir da súa casa por medo aos parentes, acubíllase na casa dun pobre home, o cal, ao outro día, lévao con fasquía de salvaxe ata a praza, onde, recoñecido, é preso e encarcerado polos seus frades.

Houbo en Imola, valerosas señoras, un home de vida perversa e corrompida, que se chamou Berto della Massa, de quen as vituperábeis accións, moi coñecidas polos imoleses, chegaron tan lonxe que non houbo en Imola quen dese creto, xa non ás súas mentiras, senón nin tan sequera ás súas verdades. Polo que, advertindo que as tretas xa non lle valían, mudouse para Venecia, receptáculo de toda inmundicia, e aquí pensou en lle dar outro xeito ao seu malvado obrar, como non fixera en ningures. E, case consumido polas más obras que fixera no pasado, mostrándose preso de gran humildade, e tornado máis católico que ninguén, colleu e fíxose frade coas ordes menores, su o nome de frei Alberto da Imola. E con tal hábito comezou a levar para os seus semellantes unha ríspeda vida e a recomendar moito a penitencia e maila abstinencia, nin nunca comía carne nin bebía viño cando non tiña o que lle gustaba. Sen que a penas ninguén se decatase, de ladrón, rufián, falsario e homicida, pasou a ser, de súpeto, un gran predicador, e, emporiso, non abandonou os vicios devanditos, por se, ás agachadas, podía poñelos en práctica. E, ademais, ao facerse crego, sempre que, celebrando no altar, era visto por moitos, choraba a paixón do Salvador, tan pouco lle custaban as bágoas, cando as precisaba. E, en breve, coas as súas prédicas e as súas bágoas, en tan alto grao embelecar soubo aos venecianos, que se converteu no fidei comisario e depositario de case tódolos testamentos que se facían alí, e no gardador do diñeiro de moitos, en confesor e conselleiro da maior parte dos homes e das mulleres. E, así, de lobo pasou a pastor e a súa fama de santo por aquela bisbarra era moito maior que a que puido ser a de san Francisco de Asís.

Pero aconteceu que unha muller nova, babiola e parva, que se chamaba dona Lisetta de ca Quirino, esposa dun importante mercador que marchara para Flandes cos galeóns, foi canda outras mulleres a se confesar con este santo frade; a cal, estando aos seus pés, como era veneciana, e estes son todos uns farfallas, cando xa dixera unha parte das súas cousas, foille preguntado por frei Alberto se tiña algún amador.

Ao que ela, con má cara, respondeu: "Ei, señor frade, ¿non tendes ollos na cara? ¿Parécevos a miña beleza feita como a desoutras? E non ía eu ter un amador, se quixese...; pero non é a miña beleza para deixala amar por este e por aquel. ¿Cántas vestes vós cunha beleza como a miña, que hei de ser bela no Paraíso?" E dixo, ademais, tantas cousas destas sobre a súa beleza, que oíla foi un fastío.

Frei Alberto comprendeu no intre que era parva de todo e parecéndolle terreo axeitado para as súas ferramentas, namourouse dela súpeta e excesivamente. Pero reservándose as lisonxas para outro momento máis cómodo, a fin de, nesta ocasión, mostrarse santo, púxose a rifar nela e a dicirlle que iso era vaidade e outros contos del. Polo que a dama lle retrucou que era unha besta e que non distinguía unha beleza doutra. Conque frei Alberto, non a querendo anoxar de máis, rematada a confesión, deixouna marchar coas outras.

E ao cabo duns días, botando man dun fiel compañeiro, foi á casa de dona Lisetta e, entrando a parte con ela nunha sala e non podendo ser visto de ninguén, púxoselle diante de xeonllos e díxolle: "Señora, eu prégovos por Deus que me perdoedes o que vos dixen o domingo, cando me falastes da vosa beleza, polo que fun castigado tan bravamente aquela mesma noite que, así que me deitei, xa non puiden erguer do leito ata hoxe."

Dixo entón dona Babiola: "¿E quen vos castigou así?

Respondeulle frei Alberto: "Vóuvolo dicir: estando en oración esa noite, como teño por costume, vin de súpeto na miña cela un gran resplendor, e antes de me poder virar para ver o que era, vin enriba de min un mozo fermosísimo cun groso bastón na man, o cal, prendéndome pola capa e tirándome ao chan, tanto mallou en min que todo me crebou. Pregunteille por que fixera iso, e dixo: "Porque hoxe tentaches censurar a celestial beleza de dona Lisetta, a quen amo, fóra de Deus, sobre tódalas cousas." Entón pregunteille eu: "¿Quen sodes?" Ao que respondeu que era o anxo San Gabriel. "Oh meu señor", dixen eu, ""prégovos que me perdoedes". Entón el respondeu: "E eu perdóote con esta condición: Que vaias canto antes poidas onda ela e te fagas perdoar. E como ela non te perdoe, eu volvo aquí e douche tantos paos, que che fago un desgraciado para o resto da vida". O que logo me dixo non ouso contárvolo, se antes non me perdoades".

Dona Barallocas, que era un algo cabeza de vento, gozaba moito oíndo estas palabras e críaas verdadeiras. E, dalí a un anaco, dixo: "Ben vos dicía eu, frei Alberto, que a miña beleza era celestial; pero, así Deus me salve, pésame por vós, e polo de agora, a fin de que non vos sexa feito máis dano, perdóovos, sempre que me contedes o que o anxo vos dixo despois".

Frei Alberto dixo: "Señora, posto que me perdoastes, diréivolo de boa gana. Pero advírtovos unha cousa: debédevos gardar de dicirlle o que eu vos diga a ningunna persoa, se non queredes estragar os vosos asuntos, xa que sodes a muller máis venturosa do mundo. Este anxo San Gabriel díxome que vós lle gustabades tanto que moitas veces tería vido a pasar a noite convosco se non fose que vos había asustar. Agora vos manda a dicir por medio de min que quere vir onda vós unha noite e demorar un pedazo; e como el é anxo e, vindo en forma de anxo, vós non o habíades poder tocar, di que para o voso deleite quere vir en forma de home, e por iso di que lle mandedes a dicir cándo queredes que veña e en forma de que, e el virá. Do que vos, máis que muller mortal ningunha, poderedes tervos por benaventurada."

Entón dixo Dona Panoca que moito lle gustaba que a amase o anxo Gabriel, pois ela o amaba ben a el, e nunca deixaba de lle acender unha vela dun "mattapán"2 diante de onde o vía pintado; e que, no caso de que quixera vir, había ser benvindo, atoparíaa toda soa na súa cámara. Pero so este pacto: que non debía deixala pola Virxe María, que lle fora dito que el a quería moito, e tal parecía, que en todo lugar onde o vía estaba axeonllado diante dela. E, alén diso, que a el concernía vir da forma que quixer, con tal de que ela non collese medo.

Entón dixo Frei Alberto: "Señora, ben falades, e eu hei de arranxar con el o que me dicides. Pero podedes facerme un gran favor, que nada vos a custar. E o favor é este: que queirades que el veña con este corpo de meu. E E escoitade por que me faredes o favor: porque el ha de tirar a miña alma do corpo e ha de metela no paraíso, e ha de entrar en min, e canto máis estea el convosco, a miña alma máis ha de estar no paraíso".

Dixo entón dona Desenxabida: "Ben me prace. Eu quero que, no canto das pancadas que vos deu por miña culpa, teñades este consolo."

Entón dixo frei Alberto: "Pois faredes que esta noite atope a porta da vosa casa de maneira que poida entrar, que, como ven en forma humana, non poderá entrar senón pola porta.

A dama respondeu que tal se faría. Frei Alberto partiu e ela quedou sentindo tal relouco que non lle chegaba a camisa ao cu, e xa lle parecía que o anxo Gabriel había demorarse mil anos. Frei Alberto, pensando que xinete, e non anxo, era o que lle conviña á noite ser, comezou a agasallarse con confeitos e outras cousas boas, a fin de non ser despedido do cabalo; e obtida a licencia, cando foi noite, entrou cun compañeiro na casa dunha amiga, desde a cal outras veces se movilizara cando andaba a perseguir as égoas, e desde aquí, cando lle pareceu oportuno, marchou disfrazado para a casa da dama, e tan logo entrou, transfigurouse en anxo cun aviamento que trouxera, subiu e entrou na cámara da señora.

A cal, cando viu esta cousa tan branca, axeonllouse diante dela, e o anxo bendiciuna, e púxoa en pé, e fíxolle o sinal de que fose para a cama; o que ela, con vontade de obedecer, fixo de contado, e o anxo deitouse coa súa devota. Era frei Alberto gallardo de corpo, e rexo, e xeitoso; polo que, ao se atopar con dona Lisetta, que era fresca e mórbida, fíxolle unhas posturas distintas do marido, e moitas veces na noite voou sen ás, do que ela se deu por moi satisfeita, e, ademais, contoulle moitas cousas da gloria celestial. Logo, achegándose o día, concertou o próximo regreso, saíu cos seus aprestos e voltou onda o seu compañeiro, ao cal, a fin de que non durmise só, fixéralle amistosa compañía a boa muller da casa.

A dama, mal almorzou, foise coa súa compaña onda frei Alberto e deulle novas do anxo Gabriel e do que oíra del verbo da gloria de vida eterna, e como el era, engadindo a isto fábulas marabillosas.

Dixo frei Alberto: "Eu non sei, miña señora, como estivestes con el. Pero ben sei que esta noite, vindo el a min e eu facéndolle a vosa embaixada, levou a miña alma entre tantas flores e tantas rosas como nunca aquí se viron e estiven nun dos lugares máis deleitosos que nunca houbo ata esta mañá a maitines; o que foi do meu corpo, eu non sei".

"¿Non volo dixen?", dixo a dama; "o voso corpo estivo toda a noite nos meus brazos co anxo Gabriel; e se vós non me credes, mirádevos baixo a mamila esquerda, onde lle dei ao anxo un bico tan grande que o sinal vos ha durar o sinal varios días."

Dixo entón frei Alberto: "Hoxe farei unha cousa que non fixen desde hai tempo, e é que me hei espir para ver se dicides verdade."

E logo de moita latrica, a dama voltou para casa. A onde, en forma de anxo, frei Alberto foi moitas veces sen impedimento ningún.

Pero ocorreu que, un día, estando dona Lisetta discutindo cunha comadre sobre belezas, para pór a súa por riba de tódalas outras, como tiña pouca chencha, dixo: "Se soubérades a quen lle agrada a miña beleza, abofé que habíades de calar a das outras.

A comadre, desexosa de oír, como a coñecía ben, dixo:

"Miña señora, de certo que falades verdade, pero non sabendo quen é ese, unha non pode mudar de idea tan de contado.

Entón a dama, que se excitaba por nada, dixo: "Comadre, non me está ben pero o meu namorado é o anxo Gabriel, que me ama máis que a si mesmo como á muller máis fermosa, polo que me di, que hai no mundo e na braña.

Á comadre, entón, entroulle a risa, pero gardouna para poder seguir coa parola, e dixo: "Abofé, señora, se o anxo Gabriel é o voso namorado e dixo isto, así debe ser, pero eu non sabía que os anxos fixesen esas cousas".

Dixo a dama: "Comadre, enganádevos. Así Deus me salve, faino mellor có meu marido, e dime que iso tamén se fai alá arriba, pero como eu lle parezo a máis fermosa de todas cantas hai no ceo, namorouse de min e baixa moi amiudo para estar comigo. Velaí tendes.

Mal a comadre deixou á dona Lisetta, pareceulle que nin en mil anos podería estar nun sitio onde rir de todo isto; e axuntándose nunha festa cun comprido grupo de mulleres, contoulles o caso polo miudo. Estas contáronllelo aos seus maridos e a outras mulleres, e estas a outras, e así, en menos de dous días, toda Venecia foi sabedora. Pero entre aqueles ás orellas dos cales chegou a cousa estaban os cuñados dela, que, sen lle falar nin chío, teimaron en atopar aquel anxo e en saber se sabía voar. E puxéronse varias noites á espreita.

Ocorreu que algún remusmús deste feito chegou ás orellas de frei Alberto; o cal, dispóndose unha noite a reprender a dama, a penas se espira, que os cuñados, os cales o viran vir, foron abrir a porta da cámara. O que, oído por frei Alberto e advertido do que era, ergueuse e, non vendo outro refuxio, abriu unha fiestra sobranceira da canal maior e lanzouse á auga. Había moito fondo e sabía nadar ben, así que non se fixo mal ningún. E, nadando ata a outra beira da canal, meteuse presto nunha casa que estaba aberta, pregándolle a un bo home que alí dentro había que, por favor, lle salvase a vida, argallando unha fábula de por que chegara alí a aquela hora e nu. O bo do home, movido a piedade, tendo que partir por mor dalgún quefacer, meteuno no seu leito e díxolle que ficase nel ata a súa volta; e logo de encerralo dentro, marchou aos seus asuntos.

Os cuñados da dama, ao entraren na cámara, atoparon que o anxo Gabriel, deixando alí as súas ás, voara; polo que, escarnecidos, deron en abafallar á dama e, finalmente deixárona, desconsolada, e voltaron á súa casa co aviamento do anxo. Entrementes, ao riscar o día, estando o bo do home en Rialto, oíu dicir que o anxo Gabriel fora xacer con dona Lisetta á noite e que, sorprendido polos cuñados, botárase, co medo, á canal, e non se sabía o que fora del, polo que no intre advertiu que debía ser o que deixara na casa. E en chegando a ela e recoñecéndoo, tras moita parola, acordaron que, se non quería que o entregase aos cuñados, lle dese cincuenta ducados; e tal se fixo.

E, despois, como frei Alberto desexase saír de alí, díxolle o bo do home: "Non hai maneira ninguna, a non ser que queirades esta. Hoxe habemos facer unha festa, á cal uns han de levar a outros vestidos de oso, e outros a guisa de home salvaxe, e quen dunha cousa e quen doutra, e na praza de San Marcos ha facerse unha caza, e, ao seu remate, acaba a festa. E despois, cada un, con aquel que trouxo, vai para onde lle praza. Se queredes, antes de que poidan saber que estades aquí, que eu vos leve dalgunha guisa destas, podo levarvos como gustedes. Doutra forma, non vexo como poderíades saír de aquí sen serdes recoñecido. E os cuñados da dama, sabendo que tendes que estar nalgún lugar dos arredores, puxeron gardas para prendervos."

Aínda que a frei Alberto lle parecía duro ter que ir daquela guisa, como lles tiña moito medo aos parentes da dama, conformouse, e díxolle a onde quería ser levado e que de calquera forma que o levase, parecíalle ben. O outro, untándoo todo de mel e recubrindoo de ridículas plumas, e poñéndolle unha cadea ao pescozo e unha máscara na cabeza, e dándolle nunha man un grande bastón e na outra dous grandes cans que trouxera do matadeiro, mandou a un ao Rialto para que apregoase que quen quixera ver ao anxo Gabriel fose á praza de San Marcos. E foi lealdade veneciana, esta. E feito isto, ao cabo dun anaco, sacouno fóra e púxoo diante, e andando detrás del, téndoo pola cadea, non sen grande rumor de moitos, que dicían: "¿E iso que é? ¿e iso que é?", conduciuno ata a praza onde, entre os que lle viñeran detrás e os que, oído o pregón, aínda chegaban de Rialto, había un mundo de xente. En chegando eles alí, poñendo cara de estar a agardar a caza, amarrou a unha columna en lugar alto e sobranceiro o home salvaxe; ao cal as moscas e os tábaos, como estaba untado de mel, abelloaban.

Pero el, así que viu que a praza se enchera ben de xente, facendo acenos de querer desencadear o home salvaxe, sacoulle a máscara a frei Alberto, dicindo: "Señores, como o porco non ven á cacería, e esta non se fai, para que vós non teñades vido en van, quero que vexades o anxo Gabriel, que baixa do ceo a terra cada noite, para consolar ás mulleres venecianas". Tan logo lle tirou a máscara, de contado foi frei Alberte de todos coñecido; e contra el erguéronse os berros de todos, dicíndolle as palabras máis vilipendiosas e os maiores aldraxes que nin a un bergallán se dirían nunca, e, alén diso, lanzándolle á cara quen unha porcallada quen outra. E así o tiveron un longuísimo pedazo, tanto que, chegando por ventura a nova aos seus frades, acudiron ata seis deles, e botándolle unha capa ao lombo e librándolle as cadeas, non sen un enorme balbordo detrás, conducírono ata a súa casa, onde, encarcerado, dis que morreu tras unha vida mísera. Así este, tido por bo e obrando mal sen que ninguén o soubera, atreveuse a facer de anxo Gabriel, e pasando deste a home salvaxe, ao cabo, aldraxado como merecía, chorou sen proveito os pecados cometidos. Así praza a Deus que a tódolos outros lles poda acontecer.

(Xornada 4ª, nov. 2ª)

Nastagio degli Honesti, namorado dunha de Traversari, gasta as súas riquezas sen ser amado. Vaise, requerido polos seus, a Chiassi. Aquí ve que un cabaleiro dá caza a unha moza, que a mata e que a devoran os cans. Convida aos seus parentes e a aquela namorada a un almorzo, no cal ela ve como esta mesma moza é despezada. E temendo un caso semellante, toma por marido a Nastagio.

En Ravenna, antiquísima cidade da Romania, houbo moitos homes nobres e ricos, e entre eles un mozo, de nome Nastagio degli Onesti, que trala morte do seu pai e máis dun tío quedou inmensamente rico. Este, como lles adoita acontecer aos mozos, estando sen muller, namorouse dunha filla de micer Paiolo Traversaro, moito máis nobre ca el, e concebiu a esperanza de que coas súas obras conseguiría o seu amor. As cales, a pesar de que eran moi grandes, boas e louvábeis, non soamente non lle facían gracia, senón que, por riba, parecía que a anoxasen, tan crúa, dura e brava se lle mostraba a mociña amada, volta, tal vez a causa da súa singular fermosura ou da súa nobreza, tan altaneira e desdeñosa, que nin el nin nada que lle gustase lle gustaba. O cal era para Nastagio tan duro de levar que, máis dunha vez, por dor, logo de moito sufrir, lle veu o desexo de matarse. Pero, despois, conténdose, a miudo fixo mentes de deixala ir ou, se puder, de aborrecela, como ela a el. Pero en van tomaba este propósito, pois parecía que canto máis a esperanza faltaba, máis se multiplicaba o seu amor. Perseverando o mozo, pois, en amar e gastar con desmesura, pareceulles a certos amigos e parentes que tanto el como a súa fortuna estaban xa para se consumir, polo que máis dunha vez lle pregaron e aconsellaron que marchase de Ravenna e que morase durante un tempo nalgún outro lugar, pois, facendo tal, lle diminuiría o amor e mailos gastos. Deste consello burlouse moitas veces Nastagio, pero, como eles llo solicitaban e non podía dicir non, díxolles que o faría. E tras mandar facer un gran arranxamento como se quixera ir para Francia, ou para España, ou para algún outro lugar afastado, montando no cabalo e acompañado polos seus numerosos amigos, saíu de Ravenna e foi para un lugar de por aí a tres millas, que se chama Chiassi. E aquí, mandando erguer tendas e pavillóns, díxolles aos acompañantes que quería ficar e que voltasen para Ravenna. Acampado Nastagio, pois, alí, comezou a levar a mellor e más magnífica vida que nunca levara ninguén, convidando quer a estes quer a aqueloutros a cear e a xantar, como tiña por costume.

Pero ocorreu que un venres, case na entrada do maio, estando un tempo magnífico e véndolle ás mentes a súa cruel muller, tendo mandado a toda a familia que o deixasen só para mellor poder pensar ao seu gusto, foi andando paseniño ata o piñeiral. E pasada xa case a quinta hora do día e entrado no piñeiral ben unha media milla, non lembrándose de comer nin doutra cousa, pareceulle oír de súpeto un grandísimo pranto e laios agudos de muller. Por onde, rota a súa doce matinación, ergueu a testa para ver o que era, e pasmouse de se ver no piñeiral. E, alén diso, mirando para enfronte, viu que viña por un bosquiño bastante mesto de arbustos e de escambróns, correndo cara ao lugar onde el estaba, unha belísima rapaza espida, despeiteada e toda rabuñada polas ramas e os escambróns, chorando e pedindo piedade a berros. E, ademais, viu, nos seus flancos, dous grandes e feros mastíns, os cales, índolle detrás, a miudo, onde a collían, trabábana cruelmente. E, aínda detrás deles, viu vir sobre un negro corcel un cabaleiro de cor moura, con cara de moito enfado e un estoque na man, ameazándoa de morte con palabras espantosas e malvadas. Isto prendeu no seu ánimo marabilla e pasmo, asemade, e, finalmente, compaixón pola desgraciada muller, o que prendeu nel o desexo de liberala de semellamnte angustia e morte, se puder. Pero ao verse sen armas, recorreu a coller unha galla a xeito de bastón, e foi ao encontro dos cans e contra o cabaleiro.

Pero o cabaleiro, ao velo, berroulle desde lonxe: "Nastagio, non te metas, dáixanos aos cans e a min facer o que esta muller malvada merece."

E así dicindo, os cans, agarrando á rapaza polos costados, detivérona, e o cabaleiro, mal chegou, desmontou do cabalo. Nastagio, achegándoselle, dixo: "Eu non sei quen es ti, que tan ben me coñeces, pero só che digo que é gran vileza por parte dun cabaleiro armado querer matar unha muller núa e encirrarlle os cans como se ela fose unha besta brava. Abofé que eu heina defender todo canto poida."

Entón, dixo o cabaleiro: "Nastagio, nacín na túa mesma cidade, e aínda eras un cativo cando eu, que fun chamado micer Guido degli Anastasi, estaba moito máis namorado desta que ti agora daquela dos Traversari. E foi tanta a miña desventura a causa da súa braveza e crueldade, que eu un día, con este estoque que me ves na man, deime a morte, desesperado, e fun condenado ás penas eternas. Dalí a pouco tempo, ela, a cal reloucara coa miña morte máis do debido, morreu, e polo pecado da súa crueldade e a delicia obtida cos meus tormentos, ao non arrepentirse, pois non cría ter pecado senón feito méritos, foi tamén condenada á pena do inferno. No cal, cando ela desceu, foinos imposta a pena, a ela, de escapar diante de min, e a min, como a amara tanto, de perseguila como mortal inimiga, non como muller amada. E cada vez que lle dou alcance, con este estoque con que me dei a morte, mátoa e ábroa polo lombo, e aquel corazón duro e frío, no que nunca puideron entrar nin amor nin piedade, xunto coas demais entrañas, tal como ti has ver de contado, arríncollo do corpo e doullo de comer a estes cans. Non pasa moito tempo ata que ela, por vontade da xustiza e do poder de Deus, como se non estivese morta, resucita, e de novo comeza a dolorosa fuga , e os cans e máis eu a perseguila; e ocorre que cada sexta feira, a estas horas, eu doulle alcance aquí, e aquí fago a matanza que has ver. E non creas que os outros días temos lecer, que a agarro noutros sitios onde ela cruelmente pensou e obrou descontra miña. E téndome convertido de amante en inimigo, como ti ves, cómpre que desta guisa a persiga tantos anos ccantos meses foi comigo cruel. Así que déixame que execute a xustiza divina e non queiras opoñerte ao que non poderías evitar."

Nastagio, cando oíu estas palabras, todo acañado e sen un pelo encima que non se arreguizase, recuando e considerando á mísera rapaza, comezou a agardar, medorento, polo que fixese o cabaleiro. O cal, rematada a súa parola, a guisa dun can adoecido, correu trala moza co estoque na man. Esta, axeonllada e presa fortemente polos dous mastíns, berráballe piedade, ata que el, con toda a súa forza, deulle no medio do peito e traspasouna de parte a parte. Así que a moza levou este golpe, caeu de bruzos, chorando e berrando sen cesar; e o cabaleiro, botando a man a un coitelo, abriuna polos riles, e sacándolle o corazón e todo o de arredor, guindóullelo aos dous mastíns, os cales, moi famentos, comérono nun amén. Non pasou moito tempo ata que a moza, como se nada houbese acontecido, ergueuse súpeta e comezou a fuxir cara ao mar, e os cans tras ela, sempre aleixoándoa. E o cabaleiro, de novo a cabalo e co estoque na man, comezouna a perseguir, e dalí a pouco afastáronse, de xeito que Nastagio os perdeu de vista.

Este, logo que viu tales cousas, un gran pedazo estivo entre condoído e medroso. E, ao cabo dun tempo, deu en pensar que aquilo lle había valer de moito, pois ocorría cada sexta feira; polo que, sinalado o lugar, voltou onda os seus criados, e despois, cando lle pareceu, chamando aos seus parentes e amigos, díxolles: "Vós animástesme durante longo tempo a que eu deixe de amar a esta miña inimiga e a que poña fin aos meus gastos, e eu estou disposto a facelo sempre que vós me concedades unha gracia, que é esta: que a próxima sexta feira logredes que Micer Paolo Traversar e a muller e a filla e tódalas mulleres achegadas súas, e outras que vos prouguer, veñan xantar comigo. O porqué de que eu queira isto, xa o saberedes entón.

Eles acharon a cousa ben doada de facer, e prometéronllo. E voltando a Ravenna, cando houbo ocasión, invitaron a quen Nastagio quería, e aínda que era custoso poder levar á moza de Nastagio amada, con todo, foi canda as outras. Nastagio fixo que arranxasen un magnífico xantar e mandou meter a mesa debaixo dos piñeiros, en torno a aquel sitio onde vira a matanza da dama cruel. E así que fixo sentar á mesa a homes e mulleres, ordenou tamén que a súa amada fose sentada enfronte mesmo do sitio onde ía ocorrer o caso. Así que chegou, pois, a última vianda, o berro desesperado da moza cazada foi oído por todos. Do que, fortemente marabillados e preguntando que era aquilo, sen que ninguén o soubese explicar, erguéndose e mirando o que podía ser, viron a doente rapaza, o cabaleiro e os cans; e, ao pouco tempo, estiveron alí entre eles. Os berros aumentaron, ben contra os cans, ben contra o cabaleiro, e moitos, para axudar á moza, avanzaron. Pero o cabaleiro, falándolles como lle falara a Nastagio, non só fixo que recuasen, senón que a todos pasmou e encheu de asombro. E facendo aquilo que outras veces fixera, todas cantas mulleres alí había (que había bastantes que foran parentes ben da moza doente ben do cabaleiro, e que se lembraban do amor e da morte del), todas choraban tan aflixidamente como se visen facérllelo a si mesmas. Chegado o cal ao seu remate, e xa idos a dama e o cabaleiro, aqueles que viran aquilo déronse a moitos e variados razoamentos. Pero entre eles, a que sentiu maior espanto foi a amada de Nastagio, a cal, logo de ver e oír todo con clareza, comprendera que a ela, máis que a outras persoas que alí había, lle atinguían estas cousas, ao se lembrar da crueldade con que sempre tratara a Nastagio; polo que xa se figuraba escapando del, irado, e levando os mastíns aos costados. E tanto foi o medo que lle entrou con todo isto, que, para que non lle acontecese a ela, así que viu a ocasión favorábel, que aquela mesma tarde se lle ofreceu, mudando en amor o seu aborrecemento, mandoulle a Anastagio unha súa criada fiel, a cal, da súa parte, lle pregou que fose cabo dela, pois estaba disposta a facer todo o que desexase. A esta mandoulle responder Nastagio que lle pracía en alto grado, pero que, se o tiña a ben, quería o seu pracer con honra para ela e tal había de ser tomándoa por esposa. A moza, que sabía que só ela podía podía impedir ser a esposa de Nastagio, mandoulle responder que lle pracía. De maneira que, sendo ela mesma a mensaxeira, díxolles ao pai é á nai que lle gustaría ser a esposa de Nastagio, do que eles moito se alegraron.

E Nastagio, logo de desposala o domingo seguinte e de celebrar as súas vodas, viviu alegremente con ela durante moito tempo. E non foi este o único ben causado polo medo, pois tódalas mulleres de Ravenna volveron tan medorentas, que desde entón foron moito máis dóciles que antes aos desexos dos homes.

(Xornada 5ª, nov. 8ª)

Chichibio, cociñeiro de Currado Gianfigliazzi, cunha frase pronta para salvarse, converte a ira de Currado en riso, e líbrase da desgracia con que Currado o ameazara.

Currado Gianfigliazzi, como cada unha de vós puidestes oír ou ver, foi sempre un nobre habitante da nosa cidade, xeneroso e liberal, e levando unha vida cabaleiresca, deleitouse continuamente cos cans e coas aves, por non falar agora das súas obras maiores. Este, tendo un día apresado e morto co seu falcón unha grúa, preto de Peretola, achándoa grosa e nova, mandoulla a un bo cociñeiro seu, de nome Chichibio, veneciano. E mandoulla dicíndo que lla asase para a cea e que lla adubase ben. Chichibio, que, bardallas como parecía, tal era, collendo a grúa, púxoa no lume e comezou a facela con mimo. Cando xa case estaba e despedía un magnífico aroma, ocorreu que unha mulleriña do barrio que se chamaba Brunetta e da que Chichibio andaba fortemente namorado, entrou na cociña e ao sentir o aroma da grou e vela, suplicoulle a Chichibio que lle dese unha coxa.

Chichibio respondeulle cantarolando e díxolle: "Non a teredes de min, Brunetta, non a teredes de min".

Dona Brunetta, un algo turbada, colleu e díxolle: "Abofé que, se non ma das, nunca hei de darche eu nada do que che gusta", e, de seguido, houbo moita parola; finalmente, Chichibio, para non arrizar á súa moza, arrancou unha coxa da grúa, e deulla.

Cando a grúa sen coxa foi levada ante Currado e algun convidado forasteiro, asombrándose Currado, mandou chamar a Chichibio e preguntoulle que onde andaba a outra coxa da grúa. Ao que o veneciano mentireiro lle respondeu, de súpeto: "Meu señor, as grúas só teñen unha coxa e unha pata."

Entón, Currado, enfadado, dixo: "¿Como demos teñen só unha coxa e unha pata? ¿Acaso non teño visto eu máis gruas ca esta?

Chichibio proseguiu: "É tal como volo digo, señor. E, cando vos praza, faréivolo ver en vivo."

Currado, por deferencia cos forasteiros que tiña consigo, non quixo seguir o fío, pero dixo: "Xa que queres facerme ver en vivo unha cousa que eu nunca vin nin oín dicir que houbese, quero vela mañá, e quedarei conforme. Pero eu xúroche polo corpo de Cristo que, se non é tal, mandareiche dar tantos paos que, para o teu mal, che ha acordar o meu nome durante toda a vida."

Rematada, pois, a parola por aquela noite, cando á mañá seguinte abriu o día, Currado, a quen a carraxe non lle acalmara co sono, ergueuse todo irado e mandou que lle fosen levados os cabalos. E facendo montar a Chichibio nun faco, conduciuno ata un río, na beira do cal soían verse, ao raiar o día, as grúas, e díxolle: "Agora imos ver quen mentiu onte á noite, se ti ou eu".

Chichibio, ao ver que a Currado aínda lle duraba a carraxe e que lle compría convencelo da súa mentira, non sabendo como podía facer, cabalgaba detrás del con todo o medo do mundo e de bo grado botaría a correr; pero, non podendo, ía mirando ora para diante ora para atrás, ou para os lados, e todo canto vía pensaba que eran grúas de dúas patas.

Pero, xa chegados ao pé do río, o primeiro que viu foron doce grúas na beira, que estaba dereitas sobre un pé, como adoitan facer ao durmiren. Polo uque el, sinalándollas con presteza a Currado, dixo: "Ben podedes ver, señor, que onte á noite vos dixen verdade, que as grúas non teñen máis ca unha coxa e unha pata, se mirades para aquelas que están acolá".

Currado, mirando, dixo: "Agarda, que che vou demostrar que teñen dúas", e achegándose a elas, berrou ei, ei, e con tal berro as grúas, baixando a outra pata, logo de dar algúns pasos, comezaron todas a fuxir. De xeito que, virándose para Chichibio, díxolle Currado: "¿Que che parece, lambón? ¿Non che parece que teñen dúas?"

Chichibio, á beira do espanto, non sabendo onde meterse, respondeu: "Paréceme, meu señor, pero vós non lle berrastes ei, ei, a aquela de onte á noite; que, se lle chegades a berrar, sacaba tamén a outra coxa e a outra pata, como fixeron estas."

Tanto lle gustou a Currado esta resposta, que toda a súa ira se converteu en ledicia e en risa, e díxolle: "Ben falaches, Chichibio, debino facer".

De maneira que, coa súa pronta e divertida resposta, Chichibio deu fin á súa desventura e púxose a ben co seu señor.

(Xornada 6ª, nov. 4ª)

Guido Cavalcanti aldraxa honestamente cunha palabra a certos cavaleiros florentinos, os cales o sorprenderan.

Habedes, pois, de saber que nos pasados tempos houbo na nosa cidade uns costumes moi fermosos e encomiábeis, ningún dos cales permaneceu, mercé a avaricia que medrou á par das riquezas, e que acabou con todos. E entre eles había un en que se axuntaban varios fidalgos en varios lugares de Florencia formando grupos algo numerosos, mirando de meter a quen puidesen satisfacer os gastos comodamente, e así, hoxe un, outro mañá, todos sucesivamente invitaban a comer, cada cal no seu día, ao grupo todo. E a miudo agasallaban os forasteiros, cando chegaban, e mesmo os cidadáns. E vestían de xeito semellante unha vez ao ano, cando menos, e así cabalgaban os máis nobres pola cidade, e, por veces, bafordaban, principalmente polas festas, ou cando chegaba á cidade algunha alegre nova de victoria ou tal que así. Había, entre estes grupos, un de Betto Bruneleschi, no que Betto e os seus compañeiros se enxeñaran moito para atraerse a Guido de micer Cavalcanti, dos Cavalcanti, e non sen razón: porque, ademais de ter sido un dos mellores lóxicos do mundo, e un óptimo filósofo natural, o que ao grupo pouco lle importaba, foi tamén un home moi galante e cortés e solto de lingua, e todo canto facer quixo, e que fose propio dun nobre, soubo facer mellor ca ninguén. E, ademais, era riquísimo, e sabía honrar en todo canto desexar se pode a quen consideraba que era merecedor. Pero micer Betto nunca atopara a maneira de telo e cría, xunto cos seus compañeiros, que tal ocorría porque Guido, con tanta especulación, se afastaba moito dos homes, e porque, como era epicureísta, o vulgo dicía que estas especulacións súas tentaban só saber se era posíbel probar que Deus non existía.

Pero ocorreu un día que, saíndo Guido de Orto San Michele e indo polo Corso degli Adimari cara a San Giovanni, que era o seu traxecto habitual, e habendo alí aqueles grandes sartegos de mármore, que hoxe están en Sanra Reparata, e outros moitos arredor de san Giovanni, e estando entre as columnas de pórfido que alí hai e os sartegos e a porta de San Giovanni, que estaba pechada, como viñese micer Betto a cabalo co seu grupo pola praza de Santa Reparata, ao ver a Guido alá, entre aqueles artegos, dixeron: "Imos meternos con el". E esporeando os cabalos, caéronlle encima a guisa dun asalto bolreante, e puxéronselle: "Guido, ti non queres entrar no noso grupo, pero, mira, cando probes que Deus non existe, ¿que has facer?

Ao que Guido, véndose rodeado por eles, respondeu de súpeto: "Señores, vós podédesme dicir na vosa casa o que vos prouguer". E pondo a man sobre un daqueles sartegos, lixeiro como era, pegou un brinco, e, botándose para a outra banda, e librándose deles, foise.

Eles quedaron mirando uns para os outros e comezaron a dicir que era un pasmarote e que aquilo que respondera viña sendo nada, por razón de que alí inde eles estaban non facían máis ca tódolos cidadáns, e Guido non menos que alguns deles. E, virándose, dixo micer Betto: "Vós sodes os pasmarotes, pois non o entendestes. Acaba de nos dicir honestamente a maior aldraxe do mundo, pois, se ben vos decatades, estes sartegos son as casas dos mortos. E el di que son a nosa casa, demostrándonos que nós e os outros homes somos idiotas eanalfabetos en comparanza con el e cos outros homes de ciencia, peor ca homes mortos, e por iso, estando nós aquí, estamos na nosa casa." Entón todos comprenderon o que Guido quixera dicir, e, avergoñados, nunca máis se meteron con el, senón que, pola contra, tiveron a micer Betto como cabaleiro agudo e sabido.

Gianni Lotteringhi escoita de noite petar na súa porta. Esperta á súa muller, e ela faille crer que é a fantasma; van conxuralo cunha oración e o petar cesa.

Houbo en Florencia, no barrio de San Pancracio, un fiandeiro chamado Gianni Lotteringhi, home máis afortunado na súa arte que sabio noutras cousas, pois, como era bastante parviolo, era nomeado moi a miudo capitán da confraría de Santa María Novella, e tiña que atender ao seu funcionamento, e tamén adoitaba ter oficios semellantes, dos que moito fachendeaba. E isto acontecíalle porque moi a miudo, como era home acomodado, dáballes boas pitanzas aos frades. Que, como moitas veces lle sacaban calzas, capas e carapuchas, aprendíanlle boas oracións e dicíanlle o Pater Noster en vulgar, a canción de San Alexo, o lamento de San Bernardo, a lauda de dona Matilde e outras riolas á maneira, as cales lle eran moi queridas e gardábaas moi dilixentemente para a salvación da súa alma. Ben. Tiña este por esposa unha fermosísima muller, que se chamaba dona Teresa e era filla de Mannuccio dalla Cuculia, moi sabía e discreta; a cal, coñecendo a simpleza do seu marido, estando namorada de Federigo di Neri Pigolotti, que era un mozo garrido e louzán, e el dela tamén, arranxou por medio dunha criada que Federigo viñese falar con ela a un lugar moi fermoso que o devandito Gianni tiña en Camerata, onde ela pasaba todo o verán; e Gianni ía alí algunha vez á bocanoite para cear ou durmir, e á mañá voltaba ao seu comercio, e tal vez ás súas laudas. Federigo, que devecía por iso, aproveitando a ocasión un día que se lle presentou, foi para alá enriba contra a tardiña, e ao non ver a Gianni á noite, con moita folgura e pracer ceou e durmiu coa dama. E ela, estando nos seus brazos, ensinoulle á noite seis das laudes do seu marido. Pero, non querendo ela que, así como era a primeira, fose a última vez, nin el tampouco, para que a criada non tivese que ir sempre cabo del, amañaron xuntos da seguinte maneira: que el, cada día que fose ou voltase do seu lugar, que estaba un algo máis enriba, parase mentes nunha viña que había á beira da casa dela, e vería unha caveira de burro baixo un daqueles paos da viña, e, cando o vise co fuciño virado para Florencia, de certo e sen fallo ningún, viñese cabo dela á noitiña, e se non atopase a porta aberta, petase claramente tres veces, e ela abriríalle. E cando vise o fuciño da caveira virado para Fiesole, non viñese, pois Giovanni estaría. E facendo deste xeito, atopáronse moitas veces.

Pero houbo unha en que, tendo que cear Federigo con dona Teresa, como ela fixera cociñar dous grosos capóns, ocorreu que Gianni, que non tiña que vir, apareceu, xa tarde; polo que a señora se sentiu moi magoada, e cearon unha pouca carne salgada que fixera cocer a parte; e fixo levar á criada nun pano branco os dous capóns cocidos e moitos ovos frescos e un frasco de bo viño a un xardín de seu, a onde se podía ir sen pasar pola casa e onde ela acostumaba a cear con Federigo algunha vez, e díxolle que pousase aquelas cousas ao pé dun pexegueiro, que había á beira dun pradicelo. E tan grande foi o seu enfado, que non lle acordou dicirlle á criada que agardase alí por Federigo e lle dixese que Gianni aparecera e que apañase aquelas cousas do horto. Polo que, índose deitar ela e Gianni, e así mesmo a criada, non tardou moito en chegar Federigo e en petar baixiño unha vez na porta, a cal estaba tan preto da cámara, que Gianni o sentiu de contado, e a dama tamén. Pero, a fin de que Gianni non sospeitase nada dela, fixo como que durmía.

E dalí a un anaco, Federigo petou por segunda vez. Polo que, Gianni, asombrado, beliscou un algo á muller e dixo: "Teresa, ¿oes o mesmo ca min? Seica petaron na porta.

A muller, que oíra moito mellor ca el, finxiu que acordaba e dixo: "¿Como dis, ho?"

"Digo", dixo Gianni, "que me parece que están a petar na porta."

Dixo a muller: "¿Petan? Ai, meu Gianni, ¿e logo non sabes o que é? Éche a fantasma que estas noites me meteu tanto medo como nunca levei, tanto que, cando o sentía, tapaba a cabeza e non me atrevía a sacala ata abrir o día."

Entón, dixo Gianni: "Ánimo, muller, non teñades medo por iso, que eu recei antes o Te lucis e a Intemerata e outras moitas e boas oracións cando nos fomos deitar, e mesmo persignei a cama de canto a canto no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, así que non debemos ter medo; que ela non nos ha facer mal ningún, por máis poder que teña.

A dama, a fin de que Federigo non volvese, por acaso, sospeitar e se anoxase con ela, decidiu que tiña que se erguer e darlle a entender que Gianni estaba alí, e díxolle ao marido: "Está ben; ti reza, que, canto a min, non me hei de ter por salvada nin segura ata que non a esconxuremos, xa que estás ti aquí.

Dixo Gianni."¿E como se esconxura?"

Dixo a dama: "Eu ben saberei esconxurala, que antonte, cando fun a Fiesole por mor das indulxencias, unha daquelas ermitás, que é, meu Gianni, a cousa máis santa, e Deus cho diga por min, ao verme con tanto medo, aprendeume unha santa e boa oración, e dixo que a ela rezara moitas veces antes de ser ermitá e que sempre lle aproveitara. Mais ben sabe Deus que eu non me atrevía a rezala soa; pero, agora que ti estás aquí, quero que vaiamos esconxurala.

Gianni dixo que moito lle pracía; e erguéndose, foron ambos paseniño ata a porta, á outra banda da cal, Federigo, posto en sospeita, agardaba. E alí axuntados, díxolle a muller a Gianni: "Agora, cando eu che diga, tes que cuspir".

Dixo Gianni: "Ben".

E a dama comezou a oración, e dixo: "Fantasma, fantasma que de noite vas, coa cola erguida aquí viñeches, coa cola erguida marcharás: vai ao horto, ao pé do pexegueiro, has atopar unto lordento e cen cagallas das miñas galiñas: bebe do frasco e váiteme de aquí e non nos fagas mal nin a meu Gianni nin a min". E así dicindo, díxolle ao marido: "Cuspe, Gianni", e Gianni cuspiu.

E Federigo, que estaba fóra e isto oía, xa libre de ciumes, tristeiro e todo como estaba, esmendrellaba coa risa, e, cando Gianni cuspía, dicía polo baixo: "Os dentes". A muller, logo que esconxurou desa guisa a fantasma, voltou ao leito co marido. Federigo, que esperaba cear con ela, e que non ceara e entendera ben as palabras da oración, foi para o horto, e tendo atopado os capóns, o viño e os ovos ao pé do cumprido pexegueiro, levounos para casa e ceou con gran deleite; e cando, de novo, volveu outras veces onda a dama, moito riu con ela daquel esconxuro.

O certo é que din alguns que a dama virara a caveira do asno cara a Fiesole, pero que un labrego que pasaba pola viña lle dera por dentro cun pao e, facéndoo xirar toda ao redor, quedara volta para Florencia; de aí que Federigo, crendo que era chamado, viñera; e que a dama rezara a oración deste xeito: "Fantasma, fantasma, váiteme con Deus, que a cabeza do asno non a virei eu, senón que foi outro, a quen confunda Deus, e co meu Gianni aquí estou eu". E, partindo, quedara sen leito e sen cea. Pero unha miña veciña, que é unha muller moi vella, díxome que unha e outra eran certas, consonte ela, sendo cativa, escoitara; pero que o último non lle ocorrera a Gianni Lotteringhi, senón a un que se chamou Gianni di Nello, que estaba na porta de San Pedro, non menos parviolo ca Gianni Lotteringhi. E por iso, miñas queridas señoras, na vosa elección está coller a que máis vos praza das dúas, ou as dúas, se quixerdes: teñen grandísima virtude para casos atais, como por experiencia oístes. Aprendédeas, e aínda vos han poder aproveitar.

(Xornada 7ª, nov. 1ª)

Frei Rinaldo xace coa súa veciña; o seu marido sorpréndeo con ela na alcoba, e fanlle crer que el estaba a esconxurar as lombrigas do seu afillado.

Habedes de saber que houbo en Siena un mozo bastante garrido e de familia honorábel, de nome Rinaldo; o cal, fondamente namorado dunha veciña súa, muller moi bela, esposa dun home rico, e esperando, no caso de atopar a maneira de falarlle sen dar que sospeitar, poder lograr dela todo aquilo que desexase, non vendo ningunha e estando a dona empreñada, pensou en se facer o seu compadre; e amistou co marido, díxollo do xeito que lle pareceu máis honesto, e fíxose así. Convertido, pois, Rinaldo en compadre de dona Agnesa e dispoñendo de maiores razóns para poder falar con ela, asegurándose, declaroulle a súa intención, que ela xa lle coñecera había tempo polos acenos dos seus ollos. Pero iso valeulle de ben pouco, por máis que á dama non lle disgustase telo escoitado. Ocorreu pouco despois que, pola razón que fose, Rinaldo meteuse a frade. E, sexa como for que atopase o pasto, perseverou niso. E malia ter deixado a un lado, desde a altura en que se fixera frade, o amor que lle profesaba á comadre, e outras vaidades súas, con todo, no decorrer do tempo, sen que colgase o hábito, recobrounas, e comezou a deleitarse fachendeando e vestindo con bos panos e sendo en tódalas súas cousas figureiro e composto, e a facer cántigas, sonetos e baladas, e a cantar, e a prodigarse en moitas cousas semellantes.

Pero, ¿que digo eu do noso frei Rinaldo, de quen falamos? ¿Quen son aqueles que non fan tal? ¡Oh abafallo deste mundo podre! Eles non se avergoñan de aparecer repoludos, de aparecer coas caras arrubiadas, de aparecer distinguidos no vestir e en tódalas súas cousas, e non como pombas, senón como galos fonchos coa crista erguida e sacando peito, proceden. E o que é peor (deixemos de banda teren as celas cheas de cacharriños acugulados de electuarios e de ungüentos, de caixas cheas de confeitos diversos, de ampolas e de garrafiñas con augas de esencia e con aceites, de frascos colmados de malvasía, viño grego e outros viños moi aprezados e sobordantes, de xeito que, a tódolos que as ven, máis lles parecen tendas de especieiros ou perfumistas ca celas de frades) non se avergoñan de que os outros saiban que son gotosos, e cren que os demais non coñecen nin saben que os continuos xexúns, as viandas groseiras e poucas e a vida sobria fagan aos homes delgados, lixeiros e máis sanos; e se lles fan mal, alomenos non lles fan mal de gota, á cal se lle adoita dar por menciña a castidade e todo aquilo que é axeitado para a vida dun modesto frade. E cren que os máis non coñecen que, alén da vida sobria, as longas vixilias, as pregarias e as disciplinas aflixen e abrancazan os homes, e que nin San Domingo nin San Francisco, sen teren nin catro capas para cada un, e esas non de panos finos nin doutros exquisitos, senón feitos de lá tosca e coa cor natural, vestían para aparentar, senón para afuxentar o frío. Deus lles forneza destas cousas, como as necesitan as almas dos simples que os alimentan.

Así pois, voltando frei Rinaldo aos seus primeiros apetitos, comezou a visitar a comadre moi a miudo; e, téndolle medrado a coraxe, comezou a solicitarlle o que desexaba con maior teimosía que antes. A boa muller, ao verse moi solicitada e ao lle parecer que frei Rinaldo era máis guapo do que soía, un día no que el a apuraba moito, recorreu ao que fan todas aquelas que degoiran conceder o que lles é pedido, e dixo: "¡Como, frei Rinaldo!, ¿e logo os frades fan estas cousas?"

Ao que frei Rinaldo respondeu: "Señora, cando eu quite esta capa de encima, que a quito moi doadamente, hei de parecervos un home feito coma os máis, e non frade.

A dama puxo un aquel de risa, e dixo: "¡Ai coitada min! Vós sodes o meu compadre. ¿E como habíamos facer? Sería mao de máis, e eu oín dicir moitas veces que é un enorme pecado. E de certo que se non fose tal, eu había de facer o que vós queredes."

Ao que frei Rinaldo dixo: "Sodes parva se o deixades por iso. Eu non digo que non sexa pecado, pero os maiores perdoa Deus a quen se arrepinte. Mais decídeme: ¿quen é máis parente do voso fillo, eu que termei del no bautismo, ou o voso marido, que o xerou?

A dama respondeu: "É máis parente seu o meu marido".

"Ben falades", dixo o frade; e o voso marido, ¿non se deita con vós?

"Deita", respondeu a dama.

"Daquela", dixo o frade, "se eu son menos parente do voso fillo có voso marido, tamén poderei deitarme con vós coma o voso marido.

A dama, que lóxica non sabía e que precisaba dun empurronciño, creu, ou finxiu creer, que o frade dicía a verdade, e respondeu: "¿Quen sabería responder ás vosas sabias palabras?" E así, malia o compadreo, dispúxose a darlle pracer. E non comezaron unha vez, senón que, sendo a cousa máis doada so a tapadeira do compadreo, porque a sospeita era menor, atopáronse moitas máis veces.

Pero ocorreu nunha que, indo frei Rinaldo á casa da dama e vendo que non había alí ninguén, agás unha criadiña, bastante guapa e simpática, logo de mandar ao seu compañeiro con ela ao faiado para lle aprender o paternoster, el e maila dama, que levaba o seu cativo da man, entraron na cámara e, tras se pecharen por dentro, comezaron a rebuldar sobre un diván que alí había. E, demorándose deste xeito, ocorreu que voltou o compadre e, sen ser sentido por ninguén, foi á porta da cámara, petou e chamou pola dama.

Ao oir isto dona Agnesa, dixo: "Morta son, que aquí está o meu marido; agora si que ha decatarse de cal é a razón da nosa familiaridade".

Estaba frei Rinaldo espido, isto é, sen capa e sen escapulario, en camisa; o cal, cando oiu isto, dixo: "Ben falades: se eu estivese vestido, algún remedio habería; pero, se vós lle abrides e el me atopa así, non poderá haber escusa ningunha.

A dama, axudada por unha idea súpeta, dixo: "Agora vestídevos; e mal esteades vestido, collede en brazos ao voso afillado e escoitade ben o que eu lle vou dicir, para que as vosas palabras cadren logo coas miñas, e deixádeme facer a min".

Tan logo o bo do home deixou de petar, cando a muller respondeu: "Xa vou", e, erguéndose, foi con boa cara á porta da cámara, abriuna e dixo: ""Meu marido, dígoche en verdade que Rinaldo, o noso compadre, veu aquí, e mandóunolo Deus. Que, de certo, se non chega a vir, perdíamos o noso fillo".

Cando o santiño oiu isto, pasmouse todo e dixo: "¿Como?"

"Oh meu marido", dixo a muller, "veulle antes un esmaio súpeto, que ben sei que morrera, e non sabía que facer nin que dicir, se nesas non chega a vir o noso compadre Rinaldo e a dicir, colléndoo en brazos: "Comadre, isto sonlle lombrigas que ten no corpo, que se poden achegar ao corazón e matalo de certo. Pero non teñades medo, que eu llas vou esconxurar e matar todas, e, antes de eu marchar, habedes de ver o cativo san como nunca o vistes". E como ti nos facías falla para dicir certas oracións e a criada non te soubo atopar, fíxollas rezar ao seu compañeiro no sitio máis alto da nosa casa, e el e máis eu entramos aquí. E como só a nai do cativo pode facer un servicio atal, para que ninguén nos incomodase, pechámonos. E el aínda o ten en brazos, e penso que só agarda a que o seu compañeiro acabe de dicir as oracións, e debeu facelo, pois o cativo xa acordou.

A aquel santiño, que lle deu creto a todo isto, tanto o magoou o seu afecto polo fillo, que non puxo mentes no engano da súa muller, e lanzando un grande suspiro, dixo: "Quero ir cabo del".

Dixo a muller: "Non vaias, que ti has estragar o que se fixo. Agarda; quero ver eu se podes ir, e, nese caso, chamareite.

Frei Rinaldo, que oíra todo e se vestira con moita calma, e collera ao cativo en brazos, cando dispuxo as cousas ao seu xeito, chamou: "Ei, comadre, ¿non estou a oír o compadre aí?

Respondeu o santiño: "Está, si señor".

"Entón", dixo frei Rinaldo, "vide aquí". O santilorio foi, e díxolle frei Rinaldo: "Tende o voso filliño, san pola gracia de Deus, aínda que houbo un momento no que coidei que non o habíades de ver vivo á noitiña. E mandade poñer unha figura de cera do seu tamaño en louvanza de Deus diante da imaxe do señor Santo Ambrosio, polos méritos do cal Deus nos fixo esta gracia.

O pícaro, ao ver o seu pai, correu cabo del e fíxolle garatuxas, como fan os nenos. El colleuno en brazos, esbagoando talmente como se o levase á foxa, e deu en bicar e agradecer ao seu compadre, que llelo curara. O compañeiro de frei Rinaldo, que non un paternoster senón tal vez máis de catro lle aprendera á criadiña, e déralle unha bolsiña de fío branco que lle regalara unha freira, e fixéraa a súa devota, cando oíra ao santiño chamar na porta da muller, fora ás caladas ata onde puidese ver e oír o que pasaba. Ao ver que a cousa ía indo, baixou, e, ao entrar na cámara, dixo: "Frei Rinaldo, esas catro oracións que me impuxeches, díxenas todas".

Ao que frei Rinaldo dixo: "Meu irmán, tes un bo folgo, e estiveches ben. Eu, por min, cando veu o meu compadre, non rezara máis que dúas, pero Deus Noso Señor, entre o teu traballo e o meu, fíxonos a mercé de que cativo está a salvo".

O santiño mandou traer bos viños e confeitos, e ofreceulles ao seu compadre e ao compañeiro aquilo polo que máis devecían. Despois, saíndo canda eles da casa, encomendounos a Deus, e mandando facer sen máis dilación a figura de cera, mandouna pendurar coas outras diante da imaxe de Santo Ambrosio, pero non o de Milán.

(Xornada 7ª, nov. 3ª)

Un celoso, vestido de crego, confesa á súa muller e ela faille crer que ama a un crego que ven cabo dela tódalas noites. De xeito que, mentres o celoso, ás agachadas, fai garda ao pé da porta, a muller recebe polo teito a un seu amante e está con el.

Houbo, pois, en Rímini un mercador rico, con moitos bens e diñeiros, que, tendo unha fermosísima muller por esposa, volveuse en desmesura celoso dela. E non tiña outra razón para isto que, como el a quería ben e tíñaa por moi fermosa, e sabía que ela, con todo o seu afán, se enxeñaba para compracelo, así estimaba que tódolos homes a amaban e que a todos lles parecía fermosa e, aínda, que se enxeñaba tamén para compracer a outros coma el (argumento de home ruin e de baixos sentimentos era este). E deste xeito, celoso de todo, gardábaa tanto, e tanto a tiña de ollo, que, se cadra, moitos dos condenados á pena capital non son custodiados con tanto coidado polos seus gardiáns. A muller, non falemos de ir a unha voda, a unha festa ou a igrexa, nin de sacar o pé da casa dalgunha maneira; era que, ademais, non ousaba asomar a fiestra ningunha nin mirar para fóra da casa por calquera razón. Así que a súa vida era pésima, e tanto máis impaciente soportaba aquel fastío canto menos culpábel se sentía.

Así que, sentíndose aldraxada polo marido, argallou para consolo de si mesma a maneira, se é que algunha había, de facer que aquela aldraxe lle fora feita por algunha verdadeira razón. E como desde a fiestra non podería levalo a cabo nin, por tanto, sentirse satisfeita do amor de alguén que lle fixese as beiras ao pasar polo seu barrio, como soubese que, na casa que estaba apegada á súa, había un mozo garrido e simpático, pensou se non habería algún buraco no muro que separaba a súa casa de aquela, de xeito que por el puidese moitas veces mirar ata atopar o mozo en disposición de lle falar e de lle declarar o seu amor, no caso de que el llo aceptase. E se puidese haber a maneira de estar con el algunha vez, e, así, pasar a súa malpocada vida, en tanto o diaño non saíse do seu marido. E, indo de aquí para alá, cando o seu marido non estaba, o muro da casa observando, viu por acaso, nunha parte bastante oculta desta, que o muro estaba un algo aberto por unha fisura. Conque, mirando por ela, aínda enxergando mal a outra parte, advertiu que alí a onde daba a fisura había unha cámara, e tivo para si: "Se esta fose a cámara de Filippo" (isto é, do mozo, o seu veciño) "eu xa estaba á metade da obra". E, con cautela, por medio dunha criada, a quen compadecía, comezou a espreitar a cámara, e descubriu que, certamente, o mozo durmía alí, todo só. Polo que, indo a miudo onda a fisura, e facendo caer pedriñas e carabullos cando sentía o mozo, tanto teimou que, a fin de ver que era aquilo, o mozo achegouse. Ela chamouno baixiño, e el, que lle coñeceu a voz, respondeulle. E ela, cando atopou vagar, dalí a pouco lle abriu o seu peito. Conque o mozo, abondo contento, fixo que, pola súa parte, o buraco se fixera maior, aínda que de maneira que ninguén o puidese ver. E por aquí moitas veces se falaban e se collían as mans, pero máis alá non se podía ir, a causa da rigorosa vixilancia do celoso.

E estando nestas, achegándose a festa do Nadal, a muller díxolle ao marido que, se lle era de grado, había de ir á igrexa na mañá de Páscoa, a confesar e comungar, como fan os demais cristiáns. Ao que o marido respondeu: "¿E logo que pecados cometeches, que te queres confesar?"

Dixo a muller; "¿Cómo? ¿Ti pensas que son unha santa porque me tes recluida? Ben sabes que eu fago pecados coma as demais persoas, pero non chos vou dicir a ti, que non es crego".

O celoso púxose en sospeita con esas palabras e pensou que quería saber os pecados que ela cometía, e argallou a maneira de facelo. E respondeulle que lle parecía ben, pero que non quería que fose a outra igrexa máis cá capela deles, e que fose á mañá con tempo, e que se confesase ou ben co capelán deles ou co crego que o capelán lle dese, e non con outro, e que voltase axiña para casa. A muller pareceu medio ter entendido, pero, sen dicir máis nada, respondeu que así había de facer.

Chegada a mañá da páscoa, a dama ergueuse co abrente, e compúxose, e foi á igrexa que lle impuxera o marido. O celoso, pola súa banda, tan logo se ergueu, foi para a mesma igrexa e chegou antes ca ela. E tendo xa disposto co crego dalí o que quería facer, e poñendo rapidamente unha das prendas do crego cun carapucho pechado en torno ás meixelas, como vemos que levan os cregos, botándoo un algo para adiante, asentouse no coro. A muller, ao chegar á igrexa, preguntou polo crego. Veu o crego, o cal, ao lle oír á muller que quería confesar, díxolle que el non podía, pero que lle mandaría un compañeiro. E, índose, mandoulle, en má hora, o celoso. O cal, vindo moi serio, a pesar de non ser moi claro o día e el ter posto o carapucho ata tapar os ollos, non se soubo ocultar como para non ser recoñecido pola súa esposa, que, ao ver isto, tivo para si: "Louvado sexa Deus, que este pasou de celoso a crego; pero déixame facer a min, que eu lle hei de dar o que anda buscando". Así que, facendo como que non o coñecía, sentóuselle ao pé. Micer celoso metera unhas pedriñas na boca, para que lle atrancasen un algo a fala e non ser recoñecido pola dama e parecíalle estar tan transfigurado en todo o demais que cría de todo imposíbel ser recoñecido por ela. Así que, entrados na confesión, entre ás cousas que a muller lle dixo, logo de lle dicir antes que era casada, foi que andaba namorada dun crego, o cal se deitaba con ela cada noite.

Cando o celoso tal oíu, sentiu como se levara unha coitelada no corazón, e se non chega a ser que eslumecía por saber máis, abandonaba a confesión e íase. Pero, conténdose, preguntoulle á muller: "Cómo, ¿o voso marido non dorme convosco?" Respondeu a dama: "Dorme, si señor".

"Daquela", dixo o celoso, "¿el pode durmir tamén co crego?" "Señor", dixo a muller, "cómo se amaña para facelo, eu non volo sei; pero non hai na casa unha porta tan ben pechada que, cando el a toca, non abra; e dime el que,cando chega á miña cámara, antes de que el a abra, dille certas palabras ao meu marido que o fan adormecer de contado, e, cando sente que adormeceu, abre a porta, entra e dorme comigo. E isto nunca falla."

Dixo entón o celoso: "Iso está mal feito e debedes deixalo de todo".

Ao que a dama respondeu: "Señor, non creo que o poida facer, pois o quero demasiado".

"Entón", dixo celoso, "non vos podo absolver".

Ao que dixo a dama: "Pésame ben, pero eu non viñen aquí para contarvos mentiras. Se eu crese que podería facelo, habíavolo dicir". Daquela dixo o celoso: "Abofé, señora, que vos compadezo, pois ben sei que, coa vosa decisión, habedes de perder a alma. Pero eu, no voso servicio, quero aplicarme en lle rezar a Deus algunhas oracións especiais no voso nome, as cales se cadra vos sexan de proveito. E heivos de mandar algunha vez a un meu acólito, a quen vós diredes se vos aproveitan ou non. E, se é que si, habemos de seguir adiante."

A isto dixo a dama: "Señor, non fagades tal, non me mandedes unha persoa á miña casa, que, se meu marido o chegase a saber, co celoso que é, ninguén lle daría tirado da cabeza que era para a miña desgracia, e non había de estar a ben con el en todo o ano".

Ao cal dixo o celoso: "Señora, non teñades medo, que eu farei de xeito que non oiredes nin unha soa palabra". Dixo entón a dama: "Se tendes peito para facer isto, estou conforme". E, rematada a confesión, recibida a penitencia e poñéndose en pé, foi oir a misa.

O celoso, fungando coa súa má ventura, foi espirse da roupa de crego e voltou para casa, desexoso de atopar a maneira de sorprender ao cura e á súa esposa, a fin de lles facer unha trasnada a cada un. A dama voltou da igrexa e ben viu na cara do marido que lle fixera a páscoa; pero el, canto podía, amañábase para disimular o que fixera e o que cría saber.

E tendo determinado que aquela noite debería estar ao pé da porta da rúa, para ver se viña o crego, díxolle á dama: "Esta noite debo cear e durmir fóra, así que pecharei ben a porta da rúa e a do medio da escaleira, e tamén a da cámara, e cando che pareza, vaste deitar". Respondeu a dama: "Moi ben".

E así que atopou o momento, foi onda o buraco e fixo o sinal acostumado, ao cal, mal o sentiu, acudiu Filippo no intre, e a dama contoulle o que fixera á mañá e o que o marido lle dixera despois de xantar, e engadiu: "Estou certa de que el non ha saír da casa, senón que ha poñerse a vixilar a porta. Así que mira de vires esta noite polo teito, para estarmos xuntos."

O mozo, moi contento con aquilo, dixo: "Señora, deixádeme facer a min".

E, en chegando a noite, o celoso escondeuse ás caladas coas súas armas nunha cámara do baixo. E a muller, mandando pechar tódalas portas, principalmente a do medio da escaleira, para que o celoso non puidera subir, cando lle pareceu oportuno, foi onda o mozo, que viñera desde a súa banda por un camiño moi reservado. E deitáronse xuntos, dándose un a outro pracer a esgalla. E, ao abrir o día, o mozo voltou para a súa casa. O celoso, doente esen cear, morrendo de frío, estivo case toda a noite coas súas armas ao pé da porta, agardando polo crego. E, achegándose o día, non podendo xa velar, deitouse na cámara do baixo. Despois, erguéndose contra as nove, como a porta da casa estivese aberta, poñendo cara de vir de fóra, subiu e almorzou. E pouco despois, mandoulle un rapaciño, como se fose o acólito do crego que a confesara, a lle preguntar se aparecera quen ela sabía. A dama, que coñeceu moi ben o mensaxeiro, respondeulle que aquela noite non viñera e que, de seguir así, había poder írselle das mentes, por ben que ela non quería tal.

¿Que máis queredes que vos diga? O celoso botou moitas noites na porta da entrada, co fin de cachar o crego, e a muller veña a darse pracer co seu amante. Finalmente, o celoso, que xa non puido aguantar máis, con cara de amúo preguntoulle á muller que lle dixera ao crego a mañá que a confesara. A dama respondeu que non llo quería dicir, porque a cousa non era honesta nin conveniente.

Ao cal dixo o celoso: "Ah, muller malvada, eu sei, mal de teu grado, o que lle dixeches, e cómpre que eu saiba quen é ese crego do que andas tan namorada e que polos seus encantos dorme cada noite contigo, ou, de contrario, córtoche as veas."

A muller dixo que non era verdade que estivese namorada dun crego.

"¿Como?", dixo o celoso, "¿non lle dixeches tal e cal ao crego que che confesou?

Dixo a dama: "Contoucho el, aínda que, nin estando presente saberíalo mellor. Pero ben que llo dixen".

"Entón", dixo o celoso, "dime quen é ese crego, e de contado".

A dama sorriu e dixo: "Moito me comprace que un home sabio sexa conducido por unha dama como se conduce un carneiro polos cornos ao matadeiro. Aínda que ti non es sabio, nin o fuches desde aquela hora en que deixaches que entrase no teu peito o mal aire dos ciumes, sen saberes por que. E canto máis parvo es, e máis besta, menor é a miña gloria. ¿Pensas ti, meu marido, que estou cega dos ollos da testa, coma ti o estás dos da mente? Pois non. E, como vía, coñecín quen era o crego que me confesaba, e sei que fuches ti. Pero eu propúxenme darche aquilo que andabas a buscar, e dincho. Aínda que, se ti foses sabio, como cres que es, non debías ter querido saber de ningunha maneira os segredos da boa da túa esposa, e, sen adquirir vás sospeitas, decataríaste de que o que ela che confesaba era a verdade, sen ter pecado en nada. Eu díxenche que amaba a un crego; ¿e non estabas ti, a quen eu, con gran culpa, amo, convertido en crego? Díxenche que ningunha porta da miña casa se lle podía pechar cando quixese durmir comigo; ¿e que porta che foi nunca pechada na túa casa cando quixeches ir alá onde eu estivese? Díxenche que o crego xacía cada noite comigo; ¿e cando non xaceches ti comigo? E cantas veces me mandaches o teu acólito, sabes que tantas, cando ti non estiveches comigo, mandeiche a dicir que o crego non estivera comigo. ¿Quen máis apampado ca ti, que te deixaches cegar polos teus ciumes, non había de entender estas cousas? E ti estiveches na casa, pasaches a noite gardando a porta, ¡e crías que me enganaras con que foras cear e durmir fóra! Decátate xa de vez e vólvete un home como soías ser antes, e non fagas que se burle de ti quen coñece os teus costumes coma min, e deixa xa esta rigorosa vixilancia. Que che xuro por Deus que, se me entrasen as ganas de che poñer os cornos, aínda que tiveses cen ollos no canto de dous, habíame atrever a darme os meus praceres de xeito que non o soubeses."

O coitado do celoso, a quen lle parecía ter advertido o segredo da súa muller, cando escoitou isto, sentiuse avergoñado; e, sen nada que responder, tivo á súa esposa por boa e por sabia, e, cando precisou dos ciumes, espiunos de todo, así como tamén, cando non precisou deles, vestiunos. Polo que a sabia señora, case con licencia para facer o que lle pracía, sen facer vir ao seu amante polo teito, por onde andan as gatas, senón pola porta, obrando discretamente, moitas máis veces deuse con el pracer e ledicia.

(Xornada 7ª, nov. 5ª)

Calandrino, Bruno e Buffalmacco baixan polo Mugnone mirando de atopar o heliotropo, e Calandrino pensa que o atopou. Volta para casa cargado de pedras. A muller repréndeo e el, amuado, bate nela e cóntalles aos compañeiros o que eles saben mellor ca el.

Na nosa cidade, que sempre foi abondosa en variados costumes e xentes insólitas, viviu, aínda non hai moito tempo, un pintor chamado Calandrino, home simple e de insólitos costumes, que o máis do tempo andaba con outros dous pintores, chamados, un Bruno, e o outro, Buffalmacco, homes moi divertidos, pero tamén espertos e sagaces, os cales trataban a Calandrino porque coas súas maneiras e coa súa simplicidade xoldeaban a miudo. Había daquela tamén en Florencia un mozo de marabillosa simpatía en todo o que se propuña facer, astuto e desenvolto, chamado Maso del Sagio. O cal, como oíra algo tocante a simplicidade de Calandrino, quixo divertirse coas súas ocorrencias gastándolle algunha broma, ou facéndolle acreditar nalgunha cousa insólita. E atopándoo un día por acaso na igrexa de San Giovanni e vendo que puxera mentes nas pinturas e baixorrelevos do tabernáculo que está sobor do altar da dita igrexa, postos alí non había moito, pensou que lle chegara o tempo e o lugar ao seu propósito. E, informado un seu compañeiro de aquilo que pretendía, achegáronse ambos alí onde Calandrino sentara só, e facendo como que non o viran, puxéronse a parolar sobre o mérito das distintas pedras, das cales falaba Maso tan eficazmente como se fose un rigoroso e grande lapidario. Aguzando as orellas Calandrino cara a aqueles comentos, e erguéndose ao cabo dun anaco, ao ver que non era un segredo, achegouse a eles, o que moito lle prougo a Maso. Ao cal, que seguía coas súas palabras, preguntoulle Calandrino onde se atopaban aquelas pedras de tanto mérito. Maso respondeu que as máis se atopaban en Berlinzone, terra dos bascos, nunha bisbarra que se chamaba Bengodi, na cal se atan as viñas con salchichas e se compra unha oca por un dinar, e máis un ganso, e onde había un monte todo de queixo parmesano rallado, sobre a cal vivía unha xente que o único que facía era ñoquis e raviolis que cocían en caldo de capóns, e despois tirábanos dalí para abaixo, e quen máis pillaba máis comía. E por alí preto corría un regato de garnacha, boa como nunca se bebeu, sen ter nin unha pinga de auga.

"Oh", dixo Calandrino, "boa terra é esa. Pero, dime: ¿que fan cos capóns que eles cocen?"

Respondeu Maso: "Cómenos tódolos bascos".

Entón, dixo Calandrino: "¿Estiveches alí algunha vez?

Ao que Maso respondeu: "¿Que se estiven algunha vez? Estiven, e tanto unha vez coma mil.

Dixo entón Calandrino: "¿E a cántas millas está?

Maso respondeu: "Desde aquí hai máis dun millar e toda a noite a cantar".

Dixo Calandrino: "Entón debe estar alén dos Abruzos".

"Xaora", respondeu Maso, "case nada...".

O simple de Calandrino, ao oir a Maso dicir estas palabras co rostro impasíbel e sen rir, dáballes o creto que se lle pode dar á verdade máis manifesta, e tíñaas por certas. E dixo: "Para min está lonxe de máis, pero se chega a estar máis preto, ben sei que había de ir alí contigo algunha vez, sequera por ver eses ñoquis aos tombos e pillar unha enchenta. Pero dime, e que esteas sempre ledo, ¿non se atopa en ningunha destas bisbarras ningunha destas pedras con tanto valor?

Ao cal Maso respondeu: "Atópanse dúas castes de pedras de grandísimo valor. Unhas son as penedas de Settignano e de Montisci, por virtude das cales, cando se converten en moas, faise a fariña, e por iso din naquelas terras que de Deus veñen as gracias e de Montisci as moas. Pero destas penedas hai tanta cantidade que entre nós son pouco prezadas, igual que entre eles as esmeraldas, das que hai alí montes maiores có Morello, que relocen na media noite, e veña Deus e dígao. E debes saber quen embelecese e enrestrase as moas antes de seren furadas e as levase ao sultán, tería del o que quixese. A outra si é unha pedra, a cal nós, os lapidarios, chamamos heliotropo, pedra de moi grande virtude, pois toda persoa que a leva consigo, mentres a ten, non pode ser vista por ningunha outra persoa onde non está".

Dixo entón Calandrino: "Grandes virtudes son estas. Pero esta segunda, ¿onde se atopa?"

Ao cal Maso respondeu que no Magnone se soía atopar. Dixo Calandrino: "¿De que grosor é esta pedra? ¿Cál é a súa cor?

Respondeu Maso: "É de varios grosores, que unhas teñen máis e outras menos, pero todas son dunha cor case negra".

Calandrino, tomando nota de todas estas cousas, pondo cara de ter que facer, afastouse de Maso, e propúxose buscar esta pedra. Pero determinou non facelo sen que o soubesen Bruno e Buffalmaccio, aos cales prezaba moito. Dedicouse, pois, a atopalos, a fin de que sen demora e antes que ninguén fosen buscala, e o resto da mañá consumiu procurándoos. Finalmente, xa pasadas as tres, lembrando que traballaban no mosteiro das freiras de Faenza, malia ser moi forte a calor, deixando tódolos seus quefaceres, foi case ás carreiras onda eles, e, chamándoos, díxolles así: "Compañeiros, se queredes darme creto, podemos chegar a ser os homes máis ricos de Florencia, pois eu lle oín dicir a un home digno de creto que no Mugnone hai unha pedra que aquel que a leva encima non é visto por ningunha outra persoa. Conque creo que nós, sen máis demora, debíamos ir buscala antes que ninguén. De certo que a habemos de atopar, pois eu a coñezo; e tan axiña a atopemos, ¿que outra cousa facer senón metela na faldriqueira e ir á mesa dos cambistas, que, como sabedes, están sempre cheas de moedas de prata e de floríns, e levar todas cantas queiramos? Ninguén nos ha ver, conque podemos ser ricos de contado, sen termos que estar todo o día esborranchando os muros como fai a limacha".

Cando tal oíron Bruno e Buffalmaco, comezaron a rir para si mesmos, e, mirando un para o outro, a pór cara de pasmo, e gabaron a proposta de Calandrino. Pero Buffalmacco preguntoulle polo nome desa pedra.

A Calandrino, que era torpe, xa o nome se lle fora da testa, polo que respondeu: "¿Para que queremos o nome se xa lle coñecemos a virtude? Creo que debíamos ir buscala sen agardar máis."

"Ben, pero", dixo Bruno,"¿que feitura ten?"

Dixo Calandrino: "Hainas de tódalas feituras, pero todas son case negras. De maneira que creo que debemos apañar todas aquelas que vexamos que son negras, ata toparmos con ela. Así que non perdámo-lo tempo, andando".

Ao cal dixo Bruno: "Agarda un pouco". E, volto para Buffalmacco, dixo: "Coido que Calandrino fala ben, pero non me parece que sexa esta a hora axeitada, pois o sol está alto e bate sobre o Mugnone, e resequiu tódalas pedras, polo que todas parecen brancas, as pedras que alí hai, que á mañá, antes de que sol as seque, parecen negras. E, ademais, moita xente, por distintas razóns, anda hoxe, que é día de labor, polo Mugnone, e eles, cando nos vexan, poderán adiviñar o que estamos a facer e se cadra han facelo eles tamén. E podería chegar ás súas mans, e nós perdermol-o trote e maila andadura. Eu creo que, se vos parece, este traballo é para facer á mañá, cando se distingan mellor as negras das brancas, e en día de festa, cando non ha ir ninguén." Buffalmaco gabou o consello de Bruno, Calandrino cadrou conforme, e decidiron que á mañá vindeira habían de ir xuntos en oprocura desa pedra. Pero, sobre todo, pregoulles Calandrino que non falasen disto con persoa ningunha, pois a el lle fora dito en segredo. E tras falar do caso, díxolles o que oíra da bisbarra de Bengoces, afirmando con xuramentos que así era. Partido Calandrino, determinaron entre eles o que habían de facer.

Calandrino agardou gorentoso a mañá do domingo. En chegando esta, ergueuse ao raiar o día, e, chamados os compañeiros, saíndo pola porta de San Gallo e baixando ao Mugnone, botaron a andar buscando a pedra. Calandrino ía, como máis de bo grado, diante, e, prontamente, brincando aquí e acolá, lanzábase a onde había algunha pedra negra, e, apañándoa, metíaa no colo. Os compañeiros ían detrás e, por veces, apañaban algunha. Pero non andara moito Calandrino cando tivo o colo cheo, polo que, erguéndose as puntas da faldra, , que non era das estreitas, e formando con elas un amplo colo, amarrándoas ben coa correa por todas partes, encheuno pouco despois, e, semellantemente, ao cabo dun pedazo, formando un colo co manto, encheuno de pedras. Así que, vendo Buffalmacco e Bruno que Calandrino estaba cargado e que se achegaba a hora do almorzo, díxolle Bruno a Buffalmaco, segundo acordaran: "¿Onde vai Calandrino?"

Buffalmacco, que o viu alí ao pé, virándose ao redor e mirando para aquí e acolá, respondeu: "Non sei, pero estaba aquí hai ben pouco, diante de nós".

Dixo Bruno: "¡Hai ben pouco! De certo que el está agora na casa a almorzar e deixounos coa tolemia de ir buscando pedras negras polo Mugnone abaixo".

"Ai, que ben fixo", dixo entón Buffalmacco, "burlándose de nós e deixándonos aquí, pois fomos tan parvos que lle demos creto. ¡Ai ho!, ¿quen sería tan babiolo como para crer que no Mugnone se puidese atopar unha pedra de tanto valor, non sendo nós?

Calandrino, cando oiu estas palabras, figurouse que a pedra chegara ás súas mans e que, pola súa virtude, aínda que estaba presente, non o vían. Así que, alegre sobremaneira con tal ventura, sen darlles fala ningunha, pensou en regresar. E, voltando sobre os seus pasos, foi indo.

Ao ver isto, díxolle Buffalmacco a Bruno: "¿E nós que facemos? ¿Por que non nos imos?"

Ao que Bruno respondeu: "Imos. Pero xuro por Deus que Calandrino non me ha facer outra. E se o chego a ter a man, coma o tiven toda a mañá, dáballe tanto no calcaño con este seixo que había de lembrar esta burla ao redor dun mes". E falar tal, e estalicar os brazos, e darlle co seixo no calcaño a Calandrino foi todo un. Calandrino, ao sentir a dor, ergueu o pé e púxose a bufar, pero calou e seguiu andando.

Buffalmaco, collendo coa man un dos callaus que apañara, díxolle a Bruno: "¡Ai, mira que bonito callau! ¡Quen me dera darlle así a Calandrino nos cadrís!" E, lanzándoo, deulle con el nos cadrís un bo golpe. E, aos poucos e desa guisa, quer cunha palabra quer con outra, polo Mugnone abaixo ata a porta de San Gallo, fórono acantazando. Aquí, tirando coas pedras que apañaran, ficaron un anaco cos gardas do portádego, os cales, informados antes por eles, facendo como que non vían, deixaran pasar a Calandrino esmendrellando coa risa. O cal, sen demorarse, foi para a súa casa, que estaba á beira do Canto alla Macina. E tan favorábel lle foi á fortuna a aquela burla, que mentres Calandrino marchou polo río e despois pola cidade, non lle falou persoa ningunha, pois atopou a poucos, que case todos estaban a almorzar.

Entrou, pois, Calandrino na casa, coa súa carga. Estaba por acaso a súa muller, a cal se chamaba Tessa, fermosa e afouta, no cabo da escaleira. E, algo anoxada pola súa longa demora, ao velo vir, púxose a rifar nel, dicindo: "Xa son horas irmán, debe ser o demo te trae para casa. Cando xa almorzaron todos, ti voltas para almorzar."

Ao oir tal Calandrino, e vendo que era visto, cheo de ira e de dor, deu en berrar:

"¡Ai, muller malvada!, ¿estabas aí? ¡Arruináchesme, pero por Deus que mas has pagar!" E, logo de subir a unha saliña e de descargar tantas pedras como apañara, correu enfurecido cara a súa muller e, agarrándoa polas trenzas, tirouna no chan, e alí, movendo canto puido brazos e pés, tanto bateu na súa persoa con puñazos e couces, sen deixarlle pelo na cabeza nin oso que mazado non fose, que de nada lle valeu pedir mercé.

Buffalmaco e Bruno, logo de rir un algo cos gardas da porta, comezaron a seguir de lonxe a Calandrino con pasos lentos. E, chegados ao pé da súa porta, oíron a fera malleira que lle daba á súa muller, e facendo como que chegaban xustamente entón, chamárono. Calandrino, todo suorento, vermello e acorado, asomou na fiestra e pediulles que subisen. Eles, con cara de enfado, subiron e viron a sala chea de pedras, e, nun dos recantos, a muller espeluxada, esgazada, toda lívida e coa cara rota, chorando dolorosamente; e, na outra banda, a Calandrino, descinguido e alasante, que sentaba a xeito de home canso.

Así que miraron un pedazo, dixeron: "¿E logo, Calandrino? ¿Vas murar, que vemos aquí tantas pedras?" E engadiron: "E dona Tessa, ¿que é o que ten? Seica bateches nela. ¿Que novidades son estas?" Calandrino, cansado polo peso das pedras e pola carraxe coa que batera na muller, e pola mágoa de pensar que a sorte o abandonara, non podía recobrar o folgo para formar unha palabra enteira, como resposta. Conque, ao quedar en suspenso, Buffalmacco seguiu: "Calandrino, se estabas irado por algo, non debías burlar de nós como fixeches, porque, logo de nos embelecar na procura da pedra preciosa, , sen nos encomendar a Deus nin ao demo, deixáchenos no Mugnone como dous pasmarolos e viñeches para aquí, o que nos pareceu moi mal. Pero abofé que esta é a derradeira que nos has facer".

A estas palabras, esforzándose, respondeu Calandrino: "Compañeiros, non vos poñades a mal. O caso non é como pensades. Eu, ¡desventurado!, atopara aquela pedra. E, ¿queredes saber a verdade? Cando vós, de primeiras, vos preguntastes por min, eu estaba a menos de doce brazas, e vendo que vos achegabades e non me viades, adianteime e viñen todo o tempo diante de vós". E do cabo ata a fin, contoulles o que eles fixeran e dixeran, e amosoulles os cadrís e o calcaño, como os seixos llos machicaran, e logo proseguiu: "E dígovos que, ao entrar pola porta con todas estas pedras no colo, que aquí vedes, ninguén me dixo nada, e ben sabedes o molestos e pesados que són os gardas, que sempre queren ver todo. E, ademais, atopei pola rúa moitos dos meus compadres e amigos que sempre me soen falar e convidarme a beber, e ningún houbo que me dixese media palabra, como se non me visen. Finalmente, cheguei á miña casa e este diaño de muller maldita plantóuseme diante, e viume, porque, como sabedes, as mulleres fanlle perder a virtude a todo. Así que eu, que me podía ter chamado o home máis afortunado de Florencia, fiquei o máis desventurado. E por iso mallei nela a máis non dar coas mans, e non sei como me conteño e non lle corto as veas: ¡que maldizoada sexa a hora na que a vin por primeira vez e entrou nesta casa!" E, acendéndose novamente de ira, quería erguerse para volver zoscala de novo.

Buffalmacco e Bruno, ao oír estas cousas, facían como que se pasmaban moito e a miudo afirmaban o que Calandrino dicía, e tiñan tantas ganas de rir que case estoupaban. Pero, vendo que se erguía furioso para bater de novo na muller, indo ao seu encontro, suxeitárono, dicíndolle que de todo aquilo a muller non tiña culpa ningunha, senón el, que sabía que ás mulleres lle facían perder a virtude ás cousas e non lle dixeran a ela que se agardase de se lle aparecer durante o día todo. Cautela que Deus lle omitira, quer porque a sorte non estaba da súa parte, quer porque fixera mentes de enganar os seus compañeiros, aos cales, cando a atopara, llo debía ter manifestado. E tras moita parola, reconciliada con el, non sen grande fatiga, a aflixida dama, e deixándoo todo melancólico coa casa chea de pedras, partiron.

(Xornada 8ª, nov. 3ª)

Bruno e Buffalmacco rípanlle un porco a Calandrino; fanlle mirar de atopalo con boliñas de xenxibre e con garnacha, e a el danlle, unha trala outra, dúas desas do can, preparadas con acíbar, e parece que o levara el mesmo. Fanllo recuperar, se non quere que llo digan á súa muller.

Quen foron Calandrino, Bruno e Buffalmaco non é preciso que eu volo diga, que xa o sabedes de sobra. E por iso, proseguindo, digo que Calandrino tiña un leiro non moi lonxe de Florencia, que recibira en dote da súa muller, do que, entre as outras cousas que nel recollía, obtiña cada ano un porco. E adoitaban sempre, aló polo decembro, a muller e máis el iren á vila, a fin de matalo e facelo salgar alí.

Pero ocorreu unha vez entre tantas que, non estando a muller moi sá, Calandrino foi só matar o porco. Oíndo isto Bruno e Buffalmacco, e sabendo que a muller non ía, foron onda un crego amiguísimo, veciño de Calandrino, a fin de botar uns días con el. A mañá do día que eles chegaron, Calandrino matara o porco. E, ao velos co crego, chamounos e dixo: "Sexade benvindos; quero que vexades o bo administrador que eu son". E conducíndoos ata a súa casa, mostroulles o porco.

Viron eles que o porco era moi fermoso e souberon por Calandrino que quería salgalo para a súa familia; ao que Bruno dixo: "¡Ai ho, ti es ben parvo! Véndeo, e pásao ben cos cartos, e dille á muller que cho riparon!"

Dixo Calandrino: "Non, ela non o había crer, e botaríame da casa. Tranquilos, que nunca o farei.

Houbo ben de palabras, mais nada conseguiron. Calandrino invitoulles a cear tan mal de seu grado que eles non quixeron e partíronse del.

Dixo Bruno a Buffalmacco: "¿Ímoslle roubar esta noite o porco?

Dixo Buffalmacco: "¿E como habemos facer?"

Dixo Bruno: "Ben vin eu o "como", se el non o muda de onde está.

"Daquela", dixo Buffalmacco, "adiante. ¿E por que non o imos facer? Despois, gozámola xunto co dómine."

O crego dixo que lle pracía. Dixo Bruno entón: "Aquí cómpre andar cunha pouca agudeza. Ti sabes, Buffalmacco, o avaro que é Calandrino e como se comprace bebendo mentres os demais pagan. Levémolo á taberna e que o crego faga como que paga todo para nos agasallar e non lle deixe pagar nunca a el. Hase embebedar e despois ha saírnos todo a pedir de boca, pois el está só na casa.

Como Bruno dixo, tal fixeron. Calandrino, ao ver que o crego non lle deixaba pagar, arrincou a beber, e por ben que non o precisase demasiado, cargouse ben. E sendo xa noite avanzada cando saíu da taberna, non querendo, polo demais, cear, entrou na casa, e, coidando que tiña pechado a porta, deixouna aberta e foise deitar. Buffalmacco e Bruno foron cear co crego, e, ao remataren, collendo os trebellos cos que entrar na casa de Calandrino tal como Bruno argallara, marcharon para alá quediño. Pero, como atoparon a porta aberta, entraron, descolgaron o porco, levárono para a casa do crego e, tras deixalo alí, fóronse deitar.

Calandrino, cando, á mañá seguinte, o viño xa se lle fora da cabeza, ergueuse e, ao baixar, mirou para o seu porco e non o viu, e si a porta aberta. Polo que, preguntando a este e a aqueloutro quen lle levara o porco, e ao non atopalo, armou un batifondo: ¡ai del, coitado del, que lle riparon o porco! Bruno e Buffalmacco, mal se ergueron, foron onda Calandrino para lle oír dicir o que dicía do porco. Cando os viu, chamounos case chorando e dixo: "¡Ai, compañeiros, que me roubaron o porco!" Bruno, achegándose, díxolle polo dereito: "Magnífico, por unha vez estiveches lizgairo".

"Ai de min", dixo Calandrino, "que estou falando verdade". "Fala, fala", dicía Bruno, "berra forte, que pareza que foi tal". Calandrino berraba máis forte aínda e dicía: "Polo corpo de Cristo, que falo verdade, que me foi roubado". E Bruno dicía: "Fala, fala ben; cómpre que fales ben, berra forte, faite oír, que pareza verdade".

Dixo Calandrino: "Ti queres que me leve o demo. Ben sei que non me cres, pero que me aforquen se non mo riparon". Entón dixo Bruno: "¡Boh!, ¿cómo pode ser iso? Eu vino aquí onte: ¿queres facerme crer que voou?

Dixo Calandrino: "É tal como eu che digo".

"¡Boh!", dixo Bruno, "¿cómo pode ser?"

"É verdade. Así que estou perdido e non sei como voltar para casa. Miña muller non ha darme creto, e aínda que me dea, xa nunca estarei a ben con ela".

Entón dixo Bruno: "Así Deus me salve, má cousa é esta, de ser certa. Pero ti sabes, Calandrino, que onte eu che ensinei a dicir iso. Non quixera que te burlases da túa muller e, asemade, de nós.

Calandrino comezou a berrar e a dicir: "Ai, ¿por que me facedes desesperar e blasfemar contra Deus e os Santos e contra todo canto hai? Eu dígovos que esta noite me levaron o porco.

Dixo entón Buffalmacco: "De certo que non veu ninguén da India a che levar o porco. Debeu ser algún dos teus veciños e, por iso, se ti puideses axuntalos, eu faría a proba do pan e do queixo, e habíamos ver no intre quen o levou".

"Si ho", dixo Bruno, "vállela facer boa, con pan e con queixo, aos catro señoróns dos arredores. Estou certo de que foi algún deles e de que se habería dar de conta da cousa e non habería querer vir".

"¿E logo que se pode facer?", dixo Buffalmacco.

Respondeu Bruno: "Sería preciso facelo cunhas boas boliñas de xenxibre e cunha boa garnacha, e convidalos a beber. Eles non se decatarían e haberían vir, e o mesmo se poden bendicir as boliñas de xenxibre có pan e mailo queixo."

Dixo Buffalmacco: "Levas razón, abofé. E ti, Calandrino, ¿que é o que dis? ¿Queres facelo?".

Dixo Calandrino: "E mesmo polo pido polo amor de Deus. Que, se eu soubese quen o levou, ata estaba medio consolado, seica".

"Daquela, andando", dixo Bruno. "Estou disposto a ir a Florencia por esas cousas que precisas, se me dás o diñeiro".

Calandrino tiña case corenta soldos, e deullos.

Bruno foi a Florencia, cabo dun amigo especieiro, e comprou unha libra de boas boliñas, e fixo facer dúas desas de can3, confeitadas con acíbar. Mandounas cubrir de azucre, como ían as outras, e, para non perdelas de vista nin confundilas, mandou facer certo sinal. E comprando un frasco dunha boa garnacha, voltou á vila onda Calandrino e díxolle: "Mañá tes que convidar a beber contigo a todos aqueles que tes en sospeita. É festa, han vir de bo grado. E eu, esta noite, farei xunto con Buffalmacco o feitizo sobre as boliñas e mañá heichas de levar a casa. E, pola lei que che teño, heinas de repartir eu mesmo, e farei e direi o que cómpre dicir e facer".

Tal fixo Calandrino. Axuntado un bo fato de mozos florentinos que andaban pola vila, e de labregos, á mañá seguinte, diante da igrexa, apareceron ao pé dun olmo Bruno e Buffalmacco coa caixa de boliñas e co frasco do viño. E tras mandar que fixeran roda, dixo Bruno: "Señores, é preciso que eu vos diga a razón de por que estades aquí, a fin de que, se ocorrese algunha outra cousa que non fose do voso agrado, non me veñades con queixas. A Calandrino, que aquí está, roubáronlle onte á noite un bonito porco, e non da atopado a aquel que o levou. E como non llo puido ter ripado máis que alguén dois que estamos aquí, el, a fin de atopalo, davos de comer estas boliñas, unha para cada un, e máis de beber. E, a partir de agora, sabede que aquel que tiver o porco non ha poder tragar a boliña, pois lle ha parecer máis amarga có veleño, e hala cuspir. E por iso, antes de pasar por esa vergoña en presencia de tantos, será se cadra mellor que quen o teña llo diga ao crego en confesión, e eu xa non me hei de meter niso."

Tódolos que alí estaban dixeron que querían comer de bo grado, polo que Bruno, ordenándoos e posto Calandrino entre eles, comezando desde un cabo, púxose a darlles cadansúa boliña. E cando estivo en fronte de Calandrino, collendo unha das de can, púxolla na man. Calandrino meteuna de présa na boca e comezouna a mastigar. Pero, tan logo sentiu a lingua o acíbar, non podendo Calandrino aguantar o amargor, cuspiuna. Alí cada un miraba para a cara do outro, a fin de ver quen cuspía a súa. E non acabara aínda Bruno de dalas, sen que puxera cara de entender aquilo, cando se oíu detrás: "Ei, Calandrino, ¿que quere dicir isto?"; polo que, dando a volta nun súpeto, e vendo que Calandrino cuspira a súa, dixo: "Esperade; se cadra algunha cousa lla fixo cuspir: colle outra". E tomando a segunda, púxolla na boca e acabou de dar as outras que tiña que repartir. A Calandrino, se a primeira se lle parecera amarga, esta pareceulle amarguísima. Pero, como lle daba vergoña cuspila, tívoa na boca mastigándoa un anaco, e, téndoa, comezou a botar unhas bágoas que semellaban avelás, grandes como eran. E, finalmente, non pudendo máis, cuspiuna como a primeira. Buffalmacco daba de beber ao grupo, e Bruno. Os cales, vendo isto xuntamente cos outros, dixeron que, certamente, Calandrino llo ripara a si mesmo. E houbo algúns que rifaron nel con aspereza.

Con todo, logo que partiron, ficando Bruno e Buffalmacco con Calandrino, púxoselle Buffalmacco: "Eu sempre tiven a certeza de que cho roubaras a ti mesmo, e que querías facernos crer que che fora ripado para non nos dar de beber nin unha vez co diñeiro que acadases.

Calandrino, que aínda non cuspira o amargor, comezou a xurar que el levar non o levara.

Dixo Buffalmacco: "Pero, ¿cánto acadaches, compadre, abofé? ¿Acadaches seis?

Calandrino, ao oir isto, comezou a se desesperar. Ao que dixo Bruno: "Escóitame ben, Calandrino, que houbo un entre os que comeron e beberon connosco que me dixo que tiñas aí enriba unha moza ao teu dispor e que lle dabas o que podías apañar, e que el tiña a certeza de que ti lle mandaras o porco. ¡Bo argallán estás ti feito! Leváchenos unha vez polo Mugnone abaixo recollendo pedras negras, e cando xa nos meteras na galera e sen biscoito, fúcheste, e despois querías que créramos que a atoparas. E agora, de xeito semellante, pensas que cos teus xuramentos has facer crer aos demais que o porco, que ti regalaches ou vendiches, foiche ripado. Ben afeitos estamos nós ás túas burlas, coñecémolas. Non has poder facer máis. E por iso, falando verdade, deunos ben de traballo argallar a cousa, así que entendemos que debes darnos dous capóns, ou, senón, contámosllo todo a dona Tessa."

Calandrino, vendo que non lle creran, parecéndolle que xa sufrira bastante e non querendo tampouco a perrencha da muller, deulles dous pares de capóns. Eles, ao que salgaron o porco, levárono para Florencia e deixaron a Calandrino co dano e máis coa burla.

(Xornada 8ª, nov. 6ª)


1
Buraco mao . Rúa napolitana preto do porto, co que comunicaba por medio dun buraco aberto na muralla, que servía de atallo. Era lugar pouco recomendábel

2
Moeda veneciana de prata

3
Variante de xenxibre, menos apreciada.

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2002
© da tradución Xavier Rodríguez Baixeras, 2002