Voltar

Alexandre Dumas

A dama das camelias

Versión galega de Antonia Vega Prieto

 

 

I

A miña opinión é que non se pode crear personaxes ata non ter estudado moito os homes, como non se pode falar unha lingua sen a condición de tela aprendida seriamente.

Non tendo aínda a idade na que un inventa, conténtome con relatar.

Pídolle ao lector o seu compromiso para que crea a realidade desta historia, cuxos personaxes, agás a heroína, viven aínda.

Por outra parte, hai en París testemuñas de gran parte dos feitos que recollo aquí, e que poderían confirmalos se o meu testemuño non fose abondo.

Por unha circunstancia particular, soamente eu os podía escribir, pois fun o único confidente dos últimos detalles, sen os cales sería imposible facer un relato interesante e completo.

Así, pois, velaquí como eses detalles chegaron ao meu coñecemento. O 12 do mes de marzo de 1847, lía, na rúa Laffitte, un gran letreiro amarelo anunciando a venda duns mobles e outros curiosos obxectos de valor. Tiña lugar por defunción. O cartel non nomeaba a persoa morta, mais a poxa debía facerse na rúa Antin, número 9, o día 16, dende o mediodía ata as cinco da tarde.

Este cartel dicía, ademais, que se podería o 13 e 14 visitar o apartamento e os mobles.

Eu sempre fun afeccionado ás curiosidades. Prometinme non faltar nesta ocasión, se non para mercar, polo menos para ver. Á mañá seguinte dirixinme á rúa Antin, nº 9.

Era cedo e, no entanto, xa había xente no piso: homes e incluso mulleres, que, aínda que vestidas de veludo, cubertas de chales de caxemira e con elegantes carruaxes agardándoas á porta, ollaban con asombro, mesmo con admiración, o luxo que se despregaba diante dos seus ollos.

Máis tarde comprendín aquela admiración e aquel asombro, pois, poñéndome eu mesmo a curiosear, recoñecín sen dificultade que estaba no apartamento dunha muller mantida. E se hai algunha cousa que as mulleres do mundo desexan ver –e alí había mulleres de mundo– é o interior das casas desas mulleres, cuxas carruaxes salpican cada día as súas; que teñen, coma elas e ao seu carón, un palco na Ópera e nos Italianos, e que fachendean en París a arrogante opulencia da súa beleza, das súas xoias e dos seus escándalos.

A daquela casa na que me atopaba estaba morta; as mulleres máis virtuosas podían, polo tanto, entrar ata o seu cuarto. A morte purificara o aire daquela espléndida cloaca e, ademais, tiñan a escusa, se fose necesario dicir, que elas ían a unha poxa sen saber a casa de quen ían. Leran os anuncios, querían ver o que aqueles anuncios prometían e facer a súa escolla de antemán; nada máis sinxelo; o que non lles impedía buscar, en medio de todas aquelas marabillas, as pegadas da súa vida cortesá, da que se fixeran, sen dúbida, tan curiosos relatos.

Desgraciadamente, os misterios morreran coa deusa e, malia toda a súa boa vontade, aquelas damas non lograron descubrir máis que o que estaba á venda despois do falecemento e nada da vida íntima da inquilina da casa.

Polo demais, non faltaban cousas que comprar. O mobiliario era magnífico. Mobles de pao de rosa e de Boule, floreiros de Sèvres e da China, estatuíñas de Saxonia, raso, veludo e encaixes; nada faltaba alí.

Pasei polo apartamento e seguín as nobres curiosas que me precederan. Entraron nun cuarto tapizado de tea persa, e ía entrar eu tamén, cando saíron case de súpeto, sorrindo e coma se se avergonzasen daquela nova curiosidade. Entón desexei profundamente entrar naquel cuarto. Era o cuarto do toucador, revestido dos seus máis minuciosos detalles, nos que parecía terse desenvolvido ata o máis alto grao a prodigalidade da morta.

Enriba dunha grande mesa pegada á parede, mesa de tres pés de largo por seis de longo, brillaban todos os tesouros de Aucoc e de Odiot. Era aquela unha magnífica colección, e nin un só deses mil obxectos tan necesarios para o coidado dunha muller coma aquela en cuxa casa nos atopabamos estaba feito doutro metal que non fose de ouro ou de prata. No entanto, unha colección como aquela só se podía ter feito pouco a pouco, e non era o mesmo amor o que a completara.

Como a min non me asustaba ver un cuarto de toucador dunha muller mantida, divertíame examinando os detalles, calquera que fose, e decateime que todos aqueles utensilios, magnificamente cicelados, levaban iniciais distintas e coroas diferentes.

Ollaba todas aquelas cousas, onde cada unha representaba unha prostitución da pobre rapaza, e dicíame que Deus fora clemente con ela, posto que non permitira que chegase a sufrir o castigo ordinario e deixáraa morrer no medio do seu luxo e da súa beleza, antes da vellez, esa primeira morte das cortesás.

En efecto, hai espectáculo máis triste que a vellez do vicio, sobre todo na muller?

Non encerra ningunha dignidade nin inspira ningún interese. Ese eterno arrepentimento, non xa do mal camiño seguido, senón dos cálculos mal feitos e dos cartos mal empregados, é unha das cousas máis entristecedoras que se poden escoitar.

Coñecín unha muller xa de idade, a quen non lle quedaba do seu pasado máis que unha filla, case tan fermosa como, segundo dicían os seus contemporáneos, fora a súa nai. Aquela pobre nena, a quen a súa nai nunca lle dixera: «es a miña filla», senón para ordenarlle que a mantivese na súa vellez como ela a alimentara na súa infancia; aquela pobre criatura chamábase Luísa, e obedecendo á súa nai, entregábase sen vontade, sen paixón, sen pracer, como cumpriría cun oficio se alguén pensase en ensinarllo.

O espectáculo continuo de libertinaxe, unha libertinaxe precoz, alimentada polo estado arreo enfermizo da rapaza, apagou nela o discernimento do mal e do ben, que talvez Deus lle concedera, mais que a ninguén se lle ocorrera desenvolver.

Lembrarei sempre aquela rapaza que paseaba polos bulevares case todos os días á mesma hora. A súa nai acompañábaa decote, tan de contino como unha boa nai tivese acompañado á súa verdadeira filla. Eu era ben novo daquela, e disposto a aceptar a fácil moral do meu século.

Lembro, no entanto, que o espectáculo daquela visión escandalosa me inspiraba desprezo e desgusto.

Engádase a iso que nunca un rostro de virxe deu tal sensación de inocencia, tal expresión de sufrimento melancólico.

Parecía a estatua da Resignación.

Un día, a faciana da moza iluminouse. En medio das libertinaxes, das que a súa nai levaba a dirección, pareceulle á pecadora que Deus lle outorgaba unha satisfacción. E, despois de todo, por que Deus, que a creara sen fortaleza, a ía deixar sen consolo baixo o peso doloroso da súa vida? Un día, pois, decatouse de que estaba encinta e o que había nela de casto aínda se estremeceu de alegría. A alma ten estraños recunchos.

Luísa correu a anunciarlle á súa nai a nova que a enchía de ledicia.

Dá vergonza dicilo –aínda que non estamos a falar aquí da inmoralidade por gusto, senón que contamos un feito real, que talvez fariamos mellor calando, se non creramos en que era necesario de cando en vez revelar os martirios deses seres aos que se condena sen oír e se despreza sen xulgar–; dá vergonza, dicimos, pero a nai respondeulle á súa filla que non lles sobraba demasiado para dúas, menos para tres, que semellantes fillos son inútiles e que un embarazo é un tempo perdido.

Á mañá seguinte, unha parteira –que sinalaremos soamente como a amiga da nai– foi ver a Luísa, a cal ficou algúns días no leito, do que se ergueu máis pálida e máis feble que antes.

Tres meses despois, un home apiadouse dela e emprendeu a súa curación moral e física; mais a última sacudida fora demasiado violenta e Luísa morreu a consecuencia do aborto.

A nai vive aínda: como? Só Deus o sabe!

Esta historia veu á miña mente mentres contemplaba os xogos de toucador de prata, e debeu transcorrer algún tempo –iso parece– mentres estaba nestas cavilacións, pois non quedaba no apartamento máis que eu e un garda, que dende a porta espreitaba se roubaba algo. Achegueime a aquel bo home, a quen eu inspiraba tan graves inquedanzas.

—Señor –pregunteille–. Podería dicirme o nome da persoa que vivía aquí?

—A señora Margarida Gautier.

Coñecía a esta muller de nome e de vista.

—Como! –díxenlle ao gardián–. Morreu Margarida Gautier?

—Si, señor.

—E cando foi?

—Hai tres semanas, creo.

—E por que deixan visitar o apartamento?

—Os acredores pensaron que así subiría a venda. A xente pode ver de antemán o efecto que fan o enxoval e os mobles colocados; isto anima a comprar, comprende?

—E logo, tiña débedas?

—Si, señor! E non poucas.

—Pero, a venda cubriraas, sen dúbida?

—De sobra.

—A quen irá o resto, entón?

—Á súa familia.

—Ah, tiña familia?

—Iso parece.

—Moitas grazas, señor.

O gardián, tranquilo ao coñecer as miñas intencións, saudoume e saín.

«Pobre moza! –ía dicindo mentres volvía á miña casa–, debeu morrer ben tristemente, pois no seu mundo non hai amigos máis que cando un está ben».

E, sen querer, non podía menos que compadecerme da sorte de Margarida Gautier.

Talvez lle parecerá ridículo a moita xente, mais sinto unha indulxencia inesgotable coas cortesás e non me paga a pena perder o tempo en dar explicacións.

Un día, ao ir coller un pasaporte á comisaría, vin como nunha das rúas adxacentes dous xendarmes levaban unha rapaza. Ignoro o que fixera, o único que podo dicir é que choraba os sete chorares abrazando un neno duns meses, de quen o seu arresto a afastaba.

Desde aquel día nunca máis puiden desprezar unha muller a simple vista.

 

II

A poxa estaba fixada para o 16.

Deixaran un día de intervalo entre as visitas e a poxa para que os tapiceiros tiveran tempo descravar os tapices, cortinas, etc.

Por aquela época eu volvía de viaxe. Era bastante normal que non me notificasen a morte de Margarida como unha desas grandes novas que os nosos amigos anuncian sempre ao que volve á capital das noticias.

Margarida era fermosa, pero así como a vida axitada desas mulleres dá moito que dicir, a súa morte pasa ás caladas. Son como eses soles que se poñen como nacen, sen brillo.

A súa morte, cando morren novas, é sabida por todos os seus amantes ao mesmo tempo, pois en París case todos os amantes dunha muller coñecida cóntano todo. Intercámbianse algunhas lembranzas sobre este asunto, mais a vida duns e doutros continúa sen que tal incidente lles faga verter unha bágoa.

Hoxe, cando un ten vinte e cinco anos, as bágoas acostuman ser unha cousa tan rara, que non se lle poden regalar á primeira que aparece. Con moito, aos pais, que pagan para ser chorados e sono a razón dos cartos que deixen.

En canto a min, aínda que a miña inicial non se atopaba sobre ningún dos obxectos de toucador de Margarida, esta indulxencia instintiva, esta piedade de meu que confesei hai un momento, foi a que me fixo cavilar na súa morte máis tempo, quizais, do que merecía.

Lembraba ter visto a Margarida moi a miúdo nos Campos Elisios, onde viña arreo, todos os días, nun pequeno cupé azul tirado por dous magníficos cabalos baios, e ter notado nela unha distinción pouco común nas súas semellantes, distinción que salientaba aínda máis unha beleza realmente excepcional.

Cando saen, estas desgraciadas criaturas van sempre acompañadas a saber de quen.

Como ningún home consente exhibir publicamente o amor nocturno que sente por elas, como elas teñen arrepío á soidade, levan a aquelas que, menos afortunadas, non teñen coche, ou ben algunha desas vellas que non son nada elegantes e ás que un se pode dirixir sen temor cando desexa saber calquera detalle respecto á muller que acompañan.

Non actuaba deste xeito Margarida. Chegaba aos Campos Elisios sempre soa no seu coche, onde trataba de pasar o máis desapercibida posible; en inverno, envolta nun gran mantón de caxemira, no verán, vestida con traxes moi sinxelos; e aínda que no seu paseo favorito houbese moita xente coñecida, cando por casualidade lles sorría, o seu sorriso só era visible para eles, nin unha duquesa podería sorrir así.

Non paseaba, como o fan e o facían todas as súas compañeiras, dende a rotonda ata a entrada dos Campos Elisios. Os seus dous cabalos levábana axiña ao bosque. Alí baixaba do coche, camiñaba durante unha hora, volvía subir ao seu cupé, e voltaba a casa ao trote das súas cabalarías.

Todas aquelas circunstancias, das que fora algunhas veces testemuña, pasaran diante miña, e sentía a morte daquela muller coma se sente a destrución total dunha fermosa obra. E ademais, era imposible ver unha beleza máis engaiolante cá de Margarida.

Alta e delgada ata a esaxeración, posuía en grao sumo a arte de facer desaparecer aquel esquecemento da natureza co simple amaño do que se poñía. O seu mantón de caxemira, cuxa punta tocaba o chan, deixaba asomar a cada lado os anchos volantes dun vestido de seda, e o groso manguito, que agochaba as súas mans e que ela apoiaba contra ao peito, estaba rodeado de pregamentos tan habilmente dispostos, que nin o ollo máis esixente tiña nada que obxectar ao contorno das liñas.

A cabeza, unha marabilla, era obxecto dunha particular coquetería. Era pequeniña, e a súa nai, como diría Musset, parecía tela feito así para facela con esmero.

Nun óvalo, dunha graza indescritible, poñede uns ollos negros coroados por unhas cellas dun arco tan puro, que parecía pintado; cubride eses ollos con longas pestanas que cando se abatían proxectaban unha sombra sobre as meixelas tinguidas de rosa; trazade un nariz fino, dereito, gracioso, coas ventás un pouco abertas por unha ardente aspiración cara á vida sensual; debuxade unha boca perfecta, cuxos beizos se abren con graza sobre uns dentes brancos coma o leite; coloreade a pel con ese suave peluxe que cobre os pexegos que ningunha man tocou, e teredes o conxunto daquela enfeitizadora cabeza.

Os cabelos negros coma o acibeche, natural ou artificialmente ondulados, caían aos dous lados da fronte e perdíanse por detrás da cabeza, deixándolle ver un pouco das orellas, nas cales brillaban dous diamantes dun valor de catro a cinco mil francos cada un.

Como a ardente vida de Margarida permitía que a súa face conservase a expresión virxinal, case infantil, que a caracterizaba, é algo que nos vemos obrigados a constatar sen comprendelo!

Margarida tiña un marabilloso retrato seu feito por Vidal, o único home que co seu lapis era quen de reproducila. Despois da súa morte tiven aquel retrato uns días á miña disposición, e era dun parecido tan abraiante que me serviu para ofrecer os detalles, que quizais coa miña memoria soa non tería abondo.

Algúns detalles deste capítulo non chegaron ao meu coñecemento ata máis tarde, pero escríboos axiña, para non ter que repetilos cando comece a historia anecdótica desta muller.

Margarida asistía a todas as estreas e pasaba todas as noites nalgún espectáculo ou no baile.

Sempre que se representaba unha obra nova era seguro vela alí, con tres cousas que xamais a abandonaban e que ocupan a parte dianteira do seu palco no entresollado: os seus xemelgos, unha bolsa de bombóns e un ramo de camelias.

Durante vinte e cinco días do mes as camelias eran brancas, e durante cinco eran vermellas; xamais se soubo a razón desta variedade de cores, que sinalo sen poder explicar, e que os habituais dos teatros onde ela ía a miúdo, e mesmo os seus amigos, repararan coma min.

Nunca viramos a Margarida con outras flores que non fosen camelias. Tanto é así, que na casa da señora Barjon, a súa florista, acabaran por alcumala a Dama das Camelias, e quedáralle este nome.

Eu sabía ademais, coma todos os que en París se moven en certos ambientes, que Margarida fora a querida dos mozos máis elegantes, que o dicía abertamente e que eles mesmos se xactaban diso, o que demostraba que amantes e querida estaban contentos uns dos outros.

No entanto, dende había uns tres anos, despois dunha viaxe a Bagnères, dicíase que non vivía máis que cun vello duque estranxeiro, enormemente rico e que intentara afastala o máis posible da súa vida pasada, ao que ela parecía ter accedido de bastante bo grao.

Velaquí o que me contaron sobre este asunto:

Na primavera de 1842, Margarida estaba tan feble, tan cambiada, que os médicos lle ordenaron que fose tomar as augas, e ela partiu para Bagnères.

Alí, entre os enfermos, atopábase a filla deste duque, a cal non soamente tiña a mesma enfermidade, senón a mesma cara que Margarida, ata tal punto que se poderían ter tomado por irmás. Soamente que a nova duquesa estaba no terceiro grao da tise e aos poucos días despois da chegada de Margarida, morreu.

Unha mañá o duque, que ficara en Bagnères como permanece un enriba do chan que sepulta unha parte do corazón, albiscou a Margarida ao dar a volta a unha alameda.

Pareceulle ver cruzar a sombra da súa filla, e, indo cara a ela, colleulle as mans, abrazouna chorando e, sen preguntarlle quen era, imploroulle permiso para ver e amar nela a imaxe viva da súa filla morta.

Margarida, soa en Bagnères coa súa doncela e, ademais, sen ningún temor de comprometerse, concedeulle ao duque o que lle pedía.

Había en Bagnères xente que a coñecía, e que foron oficialmente advertir o duque da verdadeira condición da señorita Gautier. Foi un duro golpe para o vello, pois aquí remataba o parecido coa súa filla, pero era xa demasiado tarde. A moza convertérase nunha necesidade do seu corazón e no seu único pretexto, a única escusa para seguir vivindo.

Non lle fixo ningún reproche, non tiña dereito a facerllo, mais preguntoulle se se sentía quen de mudar de vida, ofrecéndolle a cambio dese sacrificio todas as compensacións que puidese desexar.

Ela prometeullo.

Cómpre dicir que por aquela época Margarida, aínda que entusiasta por natureza, estaba enferma. O pasado aparecíaselle como unha das causas principais da súa enfermidade, e unha especie de superstición fíxolle ter esperanza de que Deus lle deixase a beleza e saúde a cambio do seu arrepentimento e conversión.

E en efecto, as augas, os paseos, o cansazo natural e mais o sono case a restableceran un pouco cando rematou o verán.

O duque acompañou a Margarida a París, onde a continuou indo ver coma en Bagnères.

Aquela unión, da que non se coñecía nin a verdadeira orixe nin o verdadeiro motivo, causou aquí unha gran sensación, pois o duque, de sona pola súa gran fortuna, dábase a coñecer agora pola súa gran prodigalidade.

Atribuíuselle á libertinaxe, frecuente entre os vellos ricos, ese achegamento dun vello duque a unha fermosa moza.

Houbo toda clases de suposicións, agás a verdadeira.

No entanto, os sentimentos que aquel pai experimentaba por Margarida tiña unha causa tan casta, que calquera outra relación que non fose de corazón parecíalle un incesto, e xamais lle dixo unha palabra que a súa filla non puidese escoitar.

Está moi lonxe de nós o pensamento de facer da nosa heroína outra cousa distinta do que era. Así pois, diremos que, mentres estivo en Bagnères, a promesa feita ao duque non fora difícil de cumprir, e cumpriuna. Mais unha vez de volta en París, pareceulle a aquela muller, acostumada á vida de esmorga, aos bailes, mesmo ás orxías, que a súa soidade, turbada soamente polas visitas decotío do duque, faríana morrer de aburrimento, e o sopro ardente da vida doutrora pasaban a un tempo pola súa cabeza e polo seu corazón.

Engádase a isto que Margarida volvera daquela viaxe máis fermosa que nunca, que tiña vinte anos e que a enfermidade, adormecida, mais non vencida, seguía espertando nela eses desexos febrís que case sempre acostuman ser resultado das afeccións do peito.

Así pois, o duque sentiu un gran pesar o día que os seus amigos, que estaban ao asexo para sorprender un escándalo por parte da moza coa cal dicían que estaba a comprometerse, viñeron dicirlle e probarlle que, en canto estaba segura de que el non a iría ver, recibía outras visitas, e que estas visitas se alongaban a miúdo ata mañá seguinte.

Interrogada, Margarida confesoulle todo ao duque, aconsellándolle, sen malicia, que deixase de ocuparse dela, pois non se sentía con forzas para manter a promesa feita e non quería seguir recibindo máis tempo as bondades dun home ao que andaba a enganar.

O duque estivo oito días sen aparecer –iso foi todo o que puido facer–, mais ao oitavo día veu suplicarlle a Margarida que volvera admitilo, prometéndolle aceptala como era, con tal de poder vela, e xurándolle que morrería antes de facerlle xamais un só reproche.

Así estaban as cousas tres meses despois da volta de Margarida, é dicir, en novembro ou decembro de 1842.

III

O 16, á unha da tarde, dirixinme á rúa Antin.

Dende a porta da cocheira oíase berrar os taxadores. O apartamento estaba cheo de curiosos.

Atopábanse alí todas as celebridades do vicio elegante, esculcadas con retranca por algunhas damas da alta sociedade, que tomaran unha vez máis o pretexto da poxa para ver de preto a esas mulleres coas que nunca tiveran ocasión de atoparse, e das que envexaban, quizais, en segredo, os fáciles praceres.

A señora duquesa de F... tratábase coa señorita A..., unha das máis tristes mostras das nosas cortesás modernas. A señora marquesa de T... vacilaba en mercar un moble polo que puxaba a señora D..., a adúltera máis coñecida e elegante da nosa época; o duque de Y..., que en Madrid pasa por arruinarse en París, en París por arruinarse en Madrid, e que, en suma, non gasta nin a súa renda, mentres falaba coa señora M..., unha das nosas contistas máis ocorrentes, que de cando en vez se digna escribir o que di e asinar o que escribe, intercambiaba olladas confidenciais coa señora N..., fermosa paseante dos Campos Elisios, case sempre vestida de rosa ou de azul, e que vai nun coche tirado por dous grandes cabalos negros que Tony lle vendeu en dez mil francos e... que ela lle pagou; en fin, a señorita R..., que só co seu talento saca o dobre do que as mulleres de mundo sacan co seu dote e o triplo do que as outras sacan cos seus amores, fora, malia o frío, facer algunhas compras, e non era a ela a que ollaban menos.

Poderiamos seguir citando moitas iniciais dun bo número de persoas reunidas naquel salón, e non pouco abraiadas de atoparse xuntas, mais tememos cansar o lector.

Digamos soamente que todo o mundo estaba moi alegre, e que moitas das que se atopaban alí coñeceran a morta, mais non parecían lembrarse diso.

Rían ás gargalladas; os taxadores andaban a berros, os vendedores, que ocuparan os bancos colocados diante das mesas da venda, trataban en balde de impor silencio para facer os seus negocios tranquilamente. Xamais houbo un reunión tan variada e máis barullenta coma aquela.

Confundíame humildemente en medio daquel balbordo, que me resultaba entristecedor cando pensaba que tiña lugar a carón da alcoba onde expirara a pobre criatura cuxos mobles vendían para pagar as débedas. Eu, como viñera para observar máis que para mercar, entretíñame ollando as caras dos provedores que organizaban a poxa, e vía como os seus trazos se aledaban cada vez que un obxecto acadaba un prezo que non esperaran.

Xente honrada, que especulara coa prostitución desta muller, que gañara o cen por cen con ela, que perseguira con papeis selados os derradeiros momentos da súa vida e que viña despois da súa morte a recoller os froitos dos seus honorables cálculos, asemade que os xuros do seu vergonzoso crédito.

Canta razón tiñan os vellos, que dicían que había un mesmo Deus para os vendedores e para os ladróns!

Vestidos, caxemira, xoias, vendíanse cunha rapidez incrible. Nada de todo aquilo me conviña, e seguín agardando.

De súpeto oín berrar:

—Un volume perfectamente encadernado, con cantos dourados, titulado: Manon Lescaut. Hai algo escrito na primeira páxina. Dez francos.

—Doce –dixo unha voz despois dun longo silencio.

—Quince –dixen.

Por que? Non o sei. Sen dúbida, por aquel algo escrito.

—Quince –repetiu o taxador.

—Trinta –dixo o primeiro poxador cun ton que parecía desafiar a que seguira puxando.

Aquilo estábase convertendo nunha loita.

—Trinta e cinco! –berrei entón no mesmo ton.

—Corenta.

—Cincuenta.

—Cen.

Confeso que se a miña intención fose causar sensación, conseguírao plenamente, pois tras aquela poxa fíxose un gran silencio, e olláronme para saber quen era o home que parecía tan resolto en posuír aquel libro.

Parece ser que a entoación dada á miña última palabra convenceu o meu antagonista, pois preferiu abandonar un combate que non tería servido máis que para facerme pagar dez veces o prezo do volume e, achegándose, díxome amablemente, aínda que un pouco tarde:

—Cedo, señor.

Como ninguén dixo máis nada, o libro foime adxudicado.

Sospeitando unha nova teimosía, que o meu amor propio quizais podería soster, mais que o meu peto levaría verdadeiramente moi mal, dei o meu nome, mandei afastar volume e baixei. Debín darlle moito que pensar a aquela xente, que, testemuña da escena, estarían a preguntarse, sen dúbida, con que fin pagara cen francos por un libro que podía conseguir en algures por dez ou quince francos como moito.

Una hora máis tarde mandara buscar a miña compra.

Na primeira páxina, con pluma e cunha escritura elegante, estaba escrita a dedicatoria do doador deste libro.

Esta dedicatoria poñía só estas palabras:

Manon a Margarida

Humildade

Estaba asinada por Armando Duval.

Que quería dicir a palabra: «humildade»?

Segundo a opinión do tal Armando Duval, que superioridade recoñecía Manon en Margarida: a da perversión ou a do corazón?

A segunda interpretación era a máis verosímil, pois a primeira non tería sido máis que unha franca impertinencia, que non aceptaría Margarida malia a súa opinión sobre si mesma.

Saín de novo e non me ocupei máis dese libro ata a hora de deitarme.

Manon Lescaut é realmente unha historia conmovedora da que non ignoro nin un detalle e, no entanto, cando cae ese volume nas miñas mans, a miña simpatía por el ségueme atraendo sempre, ábroo e por centésima vez revivo coa heroína do abate Prèvost. É unha heroína tan real, que me parece tela coñecido. Naquelas novas circunstancias, a comparación establecida entre ela e Margarida dáballe un atractivo inesperado a esa lectura, e á miña indulxencia engadíase a piedade, case o amor pola pobre muller de quen herdara o volume.

Manon morrera nun deserto, é verdade, mais tamén nos brazos dun home que amaba con todas as forzas da súa alma, e que, unha vez morta, lle cavou unha fosa, regouna coas súas bágoas e enterrou nela o seu corazón. Mentres que Margarida, pecadora coma Manon e quizais convertida coma ela, morrera no seo dun luxo suntuoso –a xulgar polo que eu vira–, no leito do seu pasado, mais tamén no medio dese deserto do corazón, moito máis árido, moito máis vasto, moito máis desapiadado ca aquel no que fora enterrada Manon.

Margarida, en efecto, segundo me fixeran saber algúns amigos, informados das derradeiras circunstancias da súa vida, non tivera un verdadeiro agarimo na súa cabeceira durante os dous meses que durara a súa lenta e dolorosa agonía.

Despois de Manon e Margarida, o meu pensamento transportoume a aquelas que eu coñecía e que vía encamiñarse alegremente cara a unha morte case sempre invariable.

Pobres criaturas! Se é un erro amalas, polo menos compadezámolas. Compadecemos o cego que nunca viu a luz do día, o xordo que nunca escoitou os acordes da natureza, o mudo que endexamais puido emitir a voz da súa alma, e, baixo o pretexto dun falso pudor, non queremos apiadarnos desa cegueira do corazón, desa xordeira da alma e dese mutismo da conciencia, que volven tola a desgraciada aflixida e que a fan, ao seu pesar, incapaz de ver o ben, de oír o Señor e de falar a pura linguaxe do amor e da fe.

Hugo escribiu Marion Delorme, Musset escribiu Bernerette, Alexandre Dumas compuxo Fernande; os pensadores e os poetas de todos os tempos presentáronlle á cortesá a ofrenda da misericordia e, ás veces, un gran home rehabilitounas co seu amor e mesmo co seu nome.

Se insisto tanto neste punto é porque quizais moitos dos que me van ler xa están dispostos a desbotar este libro, por temor a non ver nel máis que unha apoloxía do vicio e da prostitución, e sen dúbida a idade do autor non contribúe moito a aclarar ese temor. Os que pensen así, que se desenganen, e que continúen coa lectura se fose só ese temor o que os detiña!

Estou completamente convencido dun principio, e é este: para a muller que pola súa educación non aprendeu o ben, Deus abre case sempre dous camiños que a fan volver el. Eses camiños son a dor e o amor. Son difíciles; as que se aventuran por eles, ensanguentan os pés, esgazan as mans, mais deixan ao mesmo tempo nas silveiras do camiño as galas do vicio, e chegan á fin con esa nudez que non causa vergonza diante do Señor.

Os que baten con estas arriscadas viaxeiras deben apoialas e dicirlles a todos que se atoparon con elas, pois facéndoo público amosan o bo camiño.

Non se trata de pór simplemente á entrada da vida dous postes, un con esta inscrición: "ruta do ben", outro con esta advertencia: "ruta do mal"; e dicirlles aos que se presentan: "escollede"; é necesario, coma Cristo, amosar os camiños que conducen da segunda ruta á primeira aos que se deixaron tentar polos atractivos dos arredores; e, sobre todo, cómpre evitar que o comezo destes camiños sexa demasiado doloroso, nin pareza demasiado impenetrable.

Aí está o cristianismo coa súa marabillosa parábola do fillo pródigo para aconsellarnos a indulxencia e o perdón: Xesús estaba cheo de amor cara a esas almas feridas polas paixóns dos homes, e compracíase en aliviar as chagas sacando o bálsamo que debía sandar estas mesmas chagas. Así, dicíalle a Madalena: «Todo che será perdoado porque amaches moito», excelso perdón que espertaría unha fe sublime.

Por que temos que ser máis ríxidos ca Cristo? Por que, tendo en conta teimosamente as opinións deste mundo, que se fai o duro para que o creamos forte, temos que rexeitar con el a esas almas sanguentas, a miúdo, de feridas polas que, como o sangue malo dun enfermo, espalla o mal do seu pasado, en espera unicamente dunha man amiga que as sande e lles devolva a convalecencia do corazón?

Agora diríxome á miña xeración, a aqueles para quen as teorías de Voltaire deixaron de existir afortunadamente; a aqueles que, coma min, comprenden que a humanidade se atopa dende hai quince anos nun dos seus máis arriscados esforzos. A ciencia do ben e do mal foi adquirida dunha vez para sempre; a fe reconstrúese, o respecto polas cousas santas foinos devolto e, se o mundo non é bo de todo, polo menos faise mellor. Os esforzos de todos os homes intelixentes tenden a un mesmo principio, e todas as grandes vontades van enganchadas ao mesmo principio: sexamos bos, sexamos novos, sexamos auténticos! O mal non é máis que vaidade, teñamos o orgullo do ben, e sobre todo non desesperemos. Non desprecemos a muller que non é nin nai, nin irmá, nin filla, nin esposa. Non reduzamos a estima á familia, a indulxencia ao egoísmo. Posto que no ceo hai máis ledicia por un pecador arrepentido que por cen xustos que nunca pecaron, tratemos de alegrar o ceo. El pode devolvérnolo de sobra. Vaiamos deixando polo camiño a esmola do noso perdón a aqueles a quen as tentacións terreais perderon e que quizais unha esperanza divina pode salvar; e como din as vellas e boas mulleres cando aconsellan un remedio ao seu xeito: ben non che fará, mais mal tampouco.

Certamente, debe parecer un atrevemento en min querer tirar partido e grandes resultados dun tema tan insignificante como o que trato; mais son deses que cren que o moito está dentro do pouco. O neno é cativo, e encerra o home; o cerebro é estreito, e acubilla o pensamento; o ollo non é máis que un punto, e abrangue leguas.

IV

Dous días despois, a venda estaba completamente rematada. Xerara cento cincuenta mil francos.

Os acredores repartiran entre si as dúas terceiras partes, e a familia, composta dunha irmá e un sobriño, herdou o resto.

A irmá recachara moito os ollos cando o home de negocios lle escribira dicíndolle que herdara cincuenta mil francos.

Había seis ou sete anos que aquela moza non vía a súa irmá, que desaparecera un día sen que se chegase a saber, nin por ela nin por outras persoas, o menor detalle sobre a súa vida dende a súa desaparición.

Chegou a París a toda présa, e a admiración dos que coñecían a Margarida foi grande cando viron que a súa única herdeira era unha robusta e fermosa aldeá que ata entón non saíra da súa vila.

De socato atopouse cunha fortuna feita, sen que ela mesma soubese de que fonte lle viña aquel capital inesperado.

Volveu, segundo me dixeron despois, ao seu lugar, levando pola morte da súa irmá unha gran mágoa, compensada, non obstante, pola colocación dos seus cartos ao catro e medio que remataba de facer.

Todas aquelas circunstancias, repetidas en París, a cidade nai do escándalo, comezaban a esquecerse, e ata eu mesmo estaba esquecendo un pouco a parte que tomara nos acontecementos, cando un novo incidente me deu a coñecer toda a vida de Margarida, e souben detalles tan conmovedores, que me entraron ganas de escribir aquela historia, como agora fago.

Había tres ou catro días que o apartamento, baleiro xa de todos os mobles vendidos, estaba para alugar; cando unha mañá chamaron á porta.

O meu criado, ou mellor dito o meu porteiro, que me servía de criado, foi abrir e tróuxome unha tarxeta, dicíndome que a persoa que lla entregara desexaba falarme. Botei unha ollada á tarxeta e lin estas dúas palabras:

Armando Duval

Púxenme a pensar onde vira antes ese nome, e lembreime da primeira folla do volume de Manon Lescaut.

Que podía querer de min a persoa que lle dera aquel libro a Margarida? Dixen que o mandase pasar deseguida. Vin entón un mozo louro, alto, pálido, vestido con traxe de viaxe que parecía que non o quitara dende había algúns días nin pasara nin sequera o traballo de cepillalo ao chegar a París, pois estaba cuberto de po.

O señor Duval, profundamente afectado, non fixo ningún esforzo por agochar a súa emoción e, con bágoas nos ollos e voz tremente, díxome:

Señor, prégolle que disimule a miña visita e a miña roupa; mais, á parte de que entre xente nova iso non ten tanta importancia, tiña tantos desexos de velo hoxe mesmo, que nin sequera perdín o tempo indo ao hotel, onde enviei as miñas maletas, e corrín cara á súa casa, temendo se cadra non atopalo, aínda que é cedo.

Rogueille ao señor Duval que sentase ao carón do lume, achegouse a el, á vez que tiraba do peto un pano co cal agochou uns intres a cara.

Débese estar preguntando –dixo saloucando tristemente– que é o que quere este visitante descoñecido, a estas horas, cunha indumentaria así, e chorando deste xeito. Veño, sinxelamente, cabaleiro, pedirlle un gran favor.

—Fale, señor. Estou á súa completa disposición.

—Asistiu á poxa dos bens de Margarida Gautier?

Ante aquela palabra, a emoción do mozo, que conseguira dominar había un intre, foi máis forte ca el, e viuse forzado a levar as mans aos ollos.

Debo parecerlle moi ridículo –engadiu–; descúlpeme unha vez máis e créame que non esquecerei endexamais a paciencia coa que se digna escoitarme.

—Cabaleiro –repliquei–, se o favor que, segundo parece, está nas miñas mans ha de acougar a mágoa que sofre, dígame axiña en que podo serlle útil, e atopará vostede en min un home ditoso de poder compracelo.

A dor do señor Duval parecía sincera, e sen querer estaba desexando serlle pracenteiro.

Entón díxome:

—Mercou vostede algo na poxa de Margarida?

—Si, señor, un libro.

—Manon Lescaut?

—Xustamente.

—Conserva vostede aínda ese libro?

—Está no meu cuarto.

Armando Duval, ao oír isto, pareceu aliviado dun gran peso e deume as grazas coma se comezase xa a prestarlle algún servizo conservando aquel volume.

Erguinme, fun ao meu cuarto, collín o libro e entregueillo.

—Si, é este mesmo –dixo, ollando a dedicatoria da primeira páxina e folleándoo. Si, é este.

E dúas grosas bágoas caeron sobre as súas páxinas.

—E ben, cabaleiro –proseguiu, erguendo a cabeza cara a min, sen intentar sequera ocultarme que chorara e que estaba a piques de chorar outra vez– ten moito interese por este libro?

—Por que?

—Porque viñen pedirlle que mo ceda.

—Perdoe a miña curiosidade –dixen–, mais, entón foi vostede quen llo deu a Margarida Gautier?

—Eu mesmo.

—Este libro é seu, cóllao; síntome moi feliz ao poderllo devolver.

—Mais –dixo o señor Duval desconcertado– admita, polo menos, que lle dea os cartos que pagou por el.

—Permítame que llo regale. O prezo dun só volume nunha venda dese estilo é unha miudeza, e nin sequera me lembro o que custou.

—Custoulle cen francos.

—É verdade –dixen, turbado á miña vez–. Como o sabe?

—É moi sinxelo; esperaba chegar a París a tempo para a poxa de Margarida, e non cheguei ata esta mañá. Quería custe o que custe ter un obxecto que lle pertencese e corrín a cas do poxador para obter o permiso para ver a lista dos obxectos vendidos e os nomes dos compradores. Vin que este libro fora mercado por vostede e decidín rogarlle que mo cedese, aínda que o prezo que pagou por el fíxome temer que a posesión deste volume non tería para vostede, se cadra, o valor dun recordo calquera.

E falando así, Armando parecía evidentemente sospeitar que eu tivese coñecido a Margarida como el a coñecera.

Apureime a tranquilizalo.

—Só coñecía de vista a señorita Gautier –díxenlle–. A súa morte causoume a impresión que causa sempre nun home novo a morte dunha muller fermosa, coa que tivo o gusto de cruzarse. Quixen mercar algo na súa venda e empeñeime en poxar por este volume, non sei por que, polo pracer de buscarlle as cóxegas a un señor que se me botara enriba e que parecía desafiarme a ver quen o levaba. Así que, vólvollo repetir, cabaleiro, o libro está á súa disposición e rógolle de novo que o acepte, para que non o teña vostede de min como o teño dun poxador e para que sexa entre nosoutros o compromiso dun coñecemento máis amplo e dunhas relacións máis íntimas.

—Está ben, señor –díxome Armando, tendéndome a man e apertando a miña–; acéptoo e estareille agradecido toda a miña vida.

Tiña moitas ganas de preguntarlle a Armando sobre Margarida, pois a dedicatoria do libro, a viaxe do mozo, o seu desexo de posuír aquel volume picábanme a curiosidade, mais temía que, ao interrogar o meu visitante, parecese que rexeitara os seus cartos para ter o dereito a meterme nos seus asuntos.

Diríase que adiviñaba o meu desexo, porque me dixo:

—Leu vostede este libro?

—Enteiro.

—Que pensou das dúas liñas que escribín?

—Comprendín axiña que aos seus ollos a pobre moza a quen lle deu este libro era alguén fóra do común, pois resistíame a ver nesas liñas só un cumprido banal.

—E tiña vostede razón. Aquela muller era un anxo. Teña –díxome–, lea esta carta.

E tendeume un papel que parecía estar lido e relido moitas veces.

Abrino. Dicía o seguinte:

«Meu querido Armando: recibín a súa carta, e dou grazas a Deus porque está ben. Si, amigo meu, estou enferma, e dunha desas enfermidades que non perdoan; mais o interese que aínda se toma vostede por min diminúe moito os meus sufrimentos. Non vivirei, sen dúbida, abondo para ter a felicidade de apertar a man que escribiu esta carta tan agarimosa que acabo de recibir, e que as súas palabras me curarían se algo me puidese curar. Xa non o verei máis porque estou moi preto da morte e centos de leguas o afastan de min. Pobre amigo meu! A vosa Margarida doutrora está moi cambiada, e máis vale que, tal como está, non a volva ver. Pregúntame vostede se lle perdoo; oh, de todo corazón, amigo meu, pois o dano que vostede me quixo facer non era senón unha proba do amor que me tiña! Levo un mes na cama, e aprecio tanto a súa estima, que todos os días escribo o diario da miña vida dende o momento en que nos afastamos ata o intre en que xa non teña forzas para escribir.

Se o seu interese por min é verdadeiro, Armando, á súa volta vaia a cas de Xulia Duprat. Ela entregaralle este diario. Nel atopará a razón e a desculpa do que ocorreu entre nosoutros. Xulia é moi boa comigo. Conversamos a miúdo de vostede. Estaba aquí cando chegou a súa carta, choramos léndoa.

No caso de que non tivese novas de vostede, ela quedará encargada de enviarlle estes papeis á súa chegada a Francia.

Non mo agradeza. Esa volta diaria sobre os únicos momentos felices da miña vida faime moito ben, e, se vostede acha nesta lectura a desculpa do pasado, eu atópolle nela un continuo alivio.

Gustaríame deixarlle algo para que me lembrase sempre no seu corazón, mais todo que hai na casa está embargado e nada me pertence.

Comprende vostede, amigo meu? Vou morrer, e dende o meu cuarto, oio andar polo salón o gardián que os meus acredores puxeron aí para que ninguén leve nada nin me quede nada no caso de que non morra. Espero que polo menos agarden a miña fin para vender.

Oh, que desapiadados son os homes! ou, mellor dito, equivócome, é Deus quen é xusto e inflexible.

Pois ben, amado meu, veña á poxa e compre calquera cousa, pois, se eu afastase o menor obxecto para vostede e se decatasen, serían capaces de culpalo de terse apoderado de obxectos embargados.

Que vida tan triste a que abandono!

Que bo sería Deus se permitise que o volvese ver antes de morrer! Segundo todas as probabilidades, adeus, amigo meu; perdóeme se non lle escribo máis, pero os que que din que me van curar, esgótanme á forza de sangrías, e a miña man négase a escribir máis».

Margarida Gautier

Efectivamente, as derradeiras palabras eran apenas lexibles.

Devolvinlle a carta a Armando, que sen dúbida acababa de relela no seu pensamento como eu a lera sobre o papel, pois, ao collela, díxome:

—Quen podería pensar xamais que era unha muller mantida a que escribiu isto!

E, moi emocionado polas súas lembranzas, estivo contemplando algún tempo o contido daquela carta, que acabou levando aos beizos.

—Cando penso –continuou– que morreu sen que a puidese ver outra vez, e que xamais a volverei ver; cando penso que fixo por min o que unha irmá nunca tería feito, non me perdoo tela deixado morrer así. Morta! Morta! Pensando en min, escribindo e pronunciando o meu nome! Pobre Margarida querida!

E Armando, deixando ceibe os seus pensamentos e as súas bágoas, tendíame a man e continuaba:

—Quen me vexa laiar deste xeito por unha morta semellante tomaríame por un neno, mais é que ninguén sabe canto fixen sufrir a esa muller, o cruel que fun, o boa e resignada que foi ela. Cría que era eu quen tiña que perdoala, e agora véxome indigno do perdón que ela me outorga. Oh, daría dez anos da miña vida por poder chorar un aos seus pés.

Sempre é difícil consolar unha dor que non se coñece, no entanto, sentía tanta simpatía por aquel mozo, confiábame con tal franqueza a súa mágoa, que pensei que as miñas palabras non lle resultarían indiferentes, e díxenlle:

—Non ten vostede parentes ou amigos? Vaia velos, e eles animarano, pois eu non podo facer máis que compadecelo.

—É natural –dixo, erguéndose e dando grandes pasos polo meu cuarto–, estouno aburrindo. Disimule, non me daba conta de que a miña dor debe importarlle ben pouco e de que o estou importunando cunha cousa que nin pode nin debe interesarlle nada.

—Interpreta mal o sentido das miñas palabras; estou totalmente á súa disposición, só que me sinto incapaz para acougar a súa mágoa. Se a miña compañía e a dos meus amigos poden distraelo; se, en fin, me necesita para o que sexa, quero que saiba que terei un gran pracer en poder serlle útil.

—Perdón, perdón –díxome–; a dor esaxera as emocións. Déixeme ficar aquí uns minutos máis, o tempo xusto de enxugar os ollos, para que os abesullóns da rúa non queden mirando como unha cousa rara a este rapazote que chora. Acaba vostede de facerme moi feliz dándome este libro; e non saberei nunca como agradecerlle o que lle debo.

—Concedéndome un pouco da súa amizade –díxenlle a Armando– e dicíndome a causa da súa mágoa. Contando o que sofre, consólase un.

—Ten vostede razón; mais hoxe sinto tal necesidade de chorar, que non sabería dicirlle máis que palabras sen sentido. Outro día contareille parte desta historia, e xa verá vostede se teño razón para ter saudades desa pobre muller. E agora –engadiu, fregando por última vez os ollos e mirándose no espello–, dígame que non lle parezo demasiado parvo e permítame que o volva ver outra vez.

A mirada do mozo era bondadosa e doce; estiven a piques de abrazalo.

Os seus ollos comezaban de novo a encherse de bágoas; viu que eu me decataba e afastou a súa mirada de min.

—Veña –díxenlle–, ánimo!

—Adeus –díxome entón.

E facendo un grande esforzo para non chorar, mais que saír, fuxiu da miña casa.

Levantei a cortina da miña ventá e vino subir no coche que o agardaba á porta; mais, en canto estivo dentro, prorrompeu en saloucos e agochou o rostro co pano.

V

Transcorreu bastante tempo sen que oíse falar de Armando; mais, pola contra, falouse moito de Margarida.

Non sei se repararon vostedes niso, mais abonda que o nome dunha persoa que parecía que ía seguir séndonos descoñecido ou polo menos indiferente se pronuncie unha vez diante de nosoutros, para que ao redor dese nome vaian agrupándose pouco a pouco unha serie de detalles e oiamos a todos os nosos amigos falar de algo do que antes endexamais charlaramos. Entón descubrimos que esa persoa case nos estaba tocando, e decatámonos que pasou moitas veces pola nosa vida sen terlle prestado atención; atopamos nos feitos que nos contan unha coincidencia e unha afinidade reais con certos acontecementos da nosa propia existencia. Non era ese precisamente o meu caso respecto a Margarida, posto que a vira, atopárame con ela e coñecíaa de vista e polos seus costumes; no entanto, dende a poxa, o seu nome chegou tan a miúdo aos meus oídos e na circunstancia que xa dixen no capítulo anterior, que o seu nome atopouse mesturado cunha tristeza tan fonda, que medrou a miña admiración, aumentando a miña curiosidade.

Diso resultou que xa non me dirixía aos meus amigos, a quen non lles falara xamais de Margarida, máis que dicíndolles:

—Coñeceu vostede unha tal Margarida Gautier?

—A Dama das Camelias?

—Madía leva! Moito!

Aqueles «moito!» ían acompañados ás veces por sorrisos incapaces de deixar ningunha dúbida sobre o seu significado.

—E ben, como era aquela muller? –continuaba eu.

—Unha boa rapaza.

—Iso é todo?

—Meu Deus! Pois que quere que sexa? Quizais con máis intelixencia e un pouco máis de corazón cás outras da súa clase.

—E vostede non sabe nada de particular sobre ela?

—Que arruinou o barón de G...

—Soamente iso?

—Que foi a querida do vello duque de...

—Era de verdade a súa querida?

—Iso din; en todo caso, el dáballe moito diñeiro.

Sempre os mesmos detalles xerais.

No entanto, sentía gran curiosidade por coñecer algo sobre a relación de Margarida e Armando.

Un día atopeime cun deses tipos que viven arreo na intimidade das mulleres coñecidas. Pregunteille:

—Coñeceu vostede a Margarida Gautier?

Foime respondido o mesmo moito de sempre.

—Que clase de muller era?

—Fermosa e moi boa rapaza. A súa morte causoume unha gran mágoa.

—Non tivo un amante chamado Armando Duval?

—Un louro alto?

—Si.

—Tivo, si señor.

—E quen era ese Armando?

—Creo que era un mozo que gastou con ela o pouco que tiña e que se viu obrigado a deixala. Din que estaba tolo por ela.

—E ela?

—Segundo din, tamén ela o amaba moito, mais como acostuman amar esas mozas. Non hai que pedirlles máis do que poden dar.

—Que foi de Armando?

—Ignóroo. Nosoutros coñeciámolo moi pouco. Estivo cinco ou seis meses con Margarida, mais no campo. Cando ela volveu, el marchou.

—E non o volveu ver dende entón?

—Nunca.

Tampouco eu volvera ver a Armando. Cheguei a preguntarme se, cando se presentou na miña casa, a noticia recente da morte de Margarida non esaxerara o seu amor doutrora e en consecuencia a súa dor, e dicíame que talvez esquecera coa morte tamén a promesa que me fixo de vir verme.

Tal suposición sería bastante verosímil tratándose doutro, mais na desesperación de Armando houbo sinais moi sinceros, e, pasando dun extremo a outro, figurábame que a súa mágoa se trocara en enfermidade e que, se non tiña novas súas, era porque estaba enfermo ou talvez morto.

Non podía deixar de interesarme por aquel home. Quizais no meu interese había algo de egoísmo; quizais baixo aquela dor enxergaba unha conmovedora historia de amor, ou quizais o meu desexo de coñecela debíase en boa parte ao preocupado que me tiña o silencio de Armando.

Posto que o señor Duval non volvía á miña casa, decidín ir eu á súa. O pretexto non era difícil de achar; desgraciadamente, non sabía o seu enderezo, e entre aqueles a quen preguntei ninguén mo soubo dicir.

Fun entón á rúa Antin. Ao mellor o porteiro de Margarida sabía onde vivía Armando. Era un porteiro novo. Ignorábao coma min. Pregunteille entón polo cemiterio onda fora enterrada a señorita Gautier. Era o cemiterio de Montmartre.

Chegara abril, ía bo tempo, as tumbas xa non terían ese aspecto doloroso e entristecedor que lles dá o inverno; en fin, ía bastante calor para que os vivos se lembrasen dos mortos e os visitasen. Dirixinme ao cemiterio, dicindo para min: «Con só ver a tumba de Margarida saberei se a dor de Armando subsiste aínda, e quizais pescude o que foi del».

Entrei na caseta do garda, e pregunteille se o 22 de febreiro non fora enterrada no cemiterio de Montmartre unha muller chamada Margarida Gautier.

O home ollou un groso libro, onde estaban inscritos e numerados todos os que entran naquel derradeiro asilo, e respondeume que, en efecto, o 22 de febreiro, ás doce, fora inhumada unha muller con ese nome.

Pregueille que me conducise á súa tumba, pois sen cicerone non hai xeito de percorrer esa cidade dos mortos, que ten as súas rúas como a cidade dos vivos.

O garda chamou un xardineiro e deulle as indicacións necesarias, mais el interrompeuno dicíndolle:

—Xa sei, xa sei... Oh, é unha tumba ben doada de atopar –continuou, volvéndose cara a min.

—Por que? –pregunteille.

—Porque ten flores moi diferentes ás outras.

—É vostede quen coida dela?

—Si, señor, e xa me gustaría a min que todos os familiares se preocupasen polos seus defuntos o mesmo có mozo que me encargou dela.

Despois de dar algunhas voltas, o xardineiro parou e díxome:

—Xa chegamos.

En efecto, tiña ante os meus ollos un cadrado de flores que non se tomaría nunca por unha tumba, se unha lápida de mármore branco cun nome non o afirmase.

O mármore estaba colocado verticalmente, un enreixado de ferro acoutaba o terreo mercado, e ese terreo estaba cuberto de camelias brancas.

—Que lle parece? –preguntoume o xardineiro.

—Moi fermoso.

—E cada vez que unha camelia se murcha, teño a orde de renovala.

—E quen lle deu esa orde?

—Un cabaleiro novo, que chorou moito a primeira vez que veu; un antigo amante da morta, sen dúbida, pois, segundo din, era un pouco tarabela. Din que era moi bonita. O señor, coñeceuna?

—Si.

—Coma o outro –díxome o xardineiro cun sorriso malicioso.

—Non, eu non lle falei xamais.

—E vén vostede vela aquí, é moi amable pola súa parte, pois os que veñen ver esta pobre rapaza non enchen o cemiterio.

—Entón non vén ninguén?

—Ninguén, agás ese cabaleiro novo que veu unha vez.

—Só unha vez?

—Si, señor.

—E non volveu dende entón?

—Non, pero volverá cando volte.

—Entón está de viaxe?

—Si.

—E sabe onde está?

—Creo que foi á vila da irmá da señorita Gautier.

—E que fai alí?

—Vai pedir autorización para poder exhumar a morta e levala a outro sitio.

—Por que non a deixa aquí?

—Sabe vostede que ata cos mortos se teñen manías. Nós vemos todas estas cousa decotío. Este terreo foi mercado só por cinco anos, e este mozo quere unha concesión a perpetuidade e un terreo máis grande; será mellor na parte nova.

—A que chama vostede parte nova?

—A eses terreos novos que están agora en venda á esquerda. Se tivesen sempre tan coidado o cemiterio como agora, non habería outro igual no mundo; pero aínda hai abondo que facer antes de que estea todo como debe estar. E ademais a xente é tan rara...

—Que quere dicir?

—Quero dicir que hai xente que é orgullosa ata aquí. Fíxese, esta señorita Gautier parece que foi unha muller de vida alegre, e perdoe a expresión. Agora, a pobre está morta, e o que queda dela é o mesmo que o doutras, das que ninguén ten nada que dicir e que regamos todos os días; ben, pois, cando os parentes das persoas que están enterradas ao seu carón souberon quen era, quere vostede crer que non se privan dicir que se deberon opor a que a enterrasen aquí e que debía de haber terreos á parte para esa clase de mulleres, como para os pobres? Viu algunha vez cousa semellante? Enfronteime cara a todos eles, ricos rendeiros que non veñen máis que catro veces ao ano a visitar os seus defuntos, que lles traen as flores eles mesmos, e mire que flores!, que reparan nesas mexericadas para cos que eles din que choran, que escriben nas súas tumbas bágoas que nunca verteron, e que aínda veñen pór dificultades pola veciñanza. Se quere, non me crea, eu non coñecía a esta señorita nin sei o que fixo, mais aprecio esta pobre rapaciña, e cóidoa e póñolle camelias ao seu xusto prezo. É a miña morta predilecta. Mire, cabaleiro, nosoutros vémonos obrigados a querer os mortos, pois temos tanto traballo, que case non temos tempo de querer outra cousa.

Ollaba aquel home, e algúns dos meus lectores comprenderán, sen que teña a necesidade de explicárllelo, a emoción que experimentaba ao oílo.

El, sen dúbida, deuse conta, pois continuou:

—Din que houbo xente que se arruinou por esta muller e que tiña amantes que a adoraban; pois cando penso que nin un vén mercarlle sequera unha flor, iso si que é curioso e triste, e esta aínda non pode queixarse, pois ten a súa tumba, e se non hai máis que un que se lembre dela, este cumpre polos demais. Pero temos aquí outras pobres rapazas da mesma clase e da mesma idade que foron parar á fosa común, e párteseme o corazón cando oio caer os seus pobres corpos na terra. E ninguén se ocupa delas unha vez mortas! Non é sempre alegre o oficio que facemos, sobre todo mentres nos queda un pouco de corazón. Que quere vostede? Isto é máis forte ca min. Teño unha fermosa filla de vinte anos, e cando traen aquí unha morta da súa idade, penso nela e, xa sexa unha gran dama ou unha vagabunda, non podo impedir emocionarme. Mais sen dúbida estouno aburrindo con estas historias, e non veu vostede aquí para escoitalas. Dixéronme que o trouxese á tumba da señorita Gautier, e aquí está. Podo servirlle nalgunha cousa máis?

—Sabe o enderezo do señor Armando Duval? –pregunteille a aquel home.

—Si, vive na rúa de... Ou polo menos é alí onde fun cobrar todas as flores que ve vostede.

—Grazas, amigo.

Botei unha ollada por última vez a aquela tumba florida, cuxas profundidades desexaba sondar, sen querer, para ver o que a terra fixera con aquela fermosa criatura que lle entregara, e afasteime moi triste.

—E logo, desexa ver o señor Duval? –falou de novo o xardineiro, que camiñaba ao meu carón.

—Si.

—Pois estou completamente seguro que aínda non volveu; se non xa tería vido por aquí.

—Entón, está vostede convencido de que non esqueceu a Margarida?

—Non só estou convencido, senón que apostaría que o desexo de cambiala de tumba non é máis que o desexo de volvela ver.

—E iso, como?

—As primeiras palabras que me dixo ao vir ao cemiterio foron: «Que podería facer para volvela ver?» Isto non pode ser doutro xeito que mudándoa de tumba, e informeino de todas as formalidades que tiña que cubrir para obter o cambio; pois xa sabe vostede que para trasladar mortos dunha tumba a outra cómpre identificalos, e só a familia pode autorizar esta operación, que debe realizarse en presenza dun comisario de policía. Precisamente para conseguir esa autorización foi o señor Duval ver a irmá da señorita Gautier, e a súa primeira visita será, evidentemente, para nosoutros.

Chegaramos á porta do cemiterio; deille as grazas unha vez máis ao xardineiro, poñéndolle na man unhas moedas, e dirixinme ao enderezo que me dera.

Armando aínda non volvera.

Deixeille unha nota, rogándolle que viñese verme en canto chegase, ou que me dixese onde podía atopalo.

Ao día seguinte pola mañá recibín unha carta do señor Duval na que me informaba da súa volta e me pregaba que pasase pola súa casa, engadindo que, esgotado de cansazo, lle era imposible saír.

VI

Atopei a Armando no leito.

Ao verme, tendeume a man. Queimaba.

—Ten febre –díxenlle.

—Non; é o cansazo dunha viaxe rápida, iso é todo.

—Foi ver a irmá de Margarida?

—Si; quen llo dixo?

—Seino. E conseguiu o que quería?

—Si, mais quen o informou da miña viaxe e o obxectivo que tiña facela?

—O xardineiro do cemiterio.

—Viu a tumba?

Apenas me atrevía a contestar, pois o ton desta frase demostrábame que quen a pronunciara estaba sempre preto da emoción da que eu fora testemuña, e que, cada vez que o seu pensamento ou a palabra doutro lle lembraba aquel doloroso tema, tal emoción traizoaría durante moito tempo a súa vontade.

Limiteime, pois, a responder cun simple movemento de cabeza.

—Coidouna ben? –continuou Armando.

Dúas grosas bágoas esvararon polas meixelas do enfermo, que virou a cabeza para ocultarmas. Fixen coma que non as vía e tratei de cambiar de conversa.

—Xa hai tres semanas que marchou.

Armando pasou as mans polos ollos e respondeu:

—Tres semanas xustas.

—A súa viaxe foi longa!

—Oh, non crea que estiven viaxando todo o tempo; estiven doente quince días, se non fose por iso tería regresado hai moito tempo; pero en canto cheguei alí collín febre e vinme obrigado a ficar na cama.

—Volveu sen estar ben curado?

—Se quedase oito días máis naquela vila, morrería.

—Pero, agora que xa está de volta, cómpre que se coide, os seus amigos virán velo. E eu, o primeiro, se vostede mo permite.

—Dentro de dúas horas heime erguer.

—Que imprudencia!

—É necesario.

—Que ten que facer con tanta présa?

—Cómpre que vaia ver o comisario de policía.

—Por que non lle encarga a outra persoa esa xestión que pode empeorar o seu estado?

—É o único que pode curarme. Téñoa que ver. Levo sen durmir dende que souben da súa morte, e sobre todo dende que vin a súa tumba. Non podo facerme a idea de que esa muller, a que deixei tan nova e tan fermosa, estea morta. Teño que convencerme por min mesmo. Teño que ver que fixo Deus con aquel ser que tanto amei, e quizais o repulsivo do espectáculo substituirá a desesperación da lembranza. Acompañarame vostede, non é?, se é que non lle amola demasiado?

—Que lle dixo a súa irmá?

—Nada. Sorprendeulle moito que un estraño quixese mercar un terreo e mandase facer unha tumba para Margarida, e asinoume axiña a autorización que lle pedía.

—Fágame caso, agarde a que estea ben para facer ese traslado.

—Descoide, serei forte, non se preocupe. Ademais, vou volverme tolo se non remato canto antes con esta decisión, cuxo cumprimento se converteu nunha necesidade para a miña dor. Xúrolle que non poderei acougar ata que non vexa a Margarida. Quizais sexa unha sede da febre que me queima, un soño dos meus insomnios, un resultado do meu delirio; mais, aínda que despois de vela me faga trapense como o señor Rancé, vereina.

—Compréndoo –díxenlle a Armando–, e estou ás súas ordes. Viu vostede a Xulia Duprat?

—Si, vina xa o mesmo día do meu regreso.

—Entregoulle os papeis que Margarida lle deixara para vostede?

—Aquí están.

Armando tirou un rolo de papeis de debaixo da súa almofada, onde os volveu colocar decontado.

—Sei de memoria o que conteñen –díxome–. Levo tres semanas léndoos dez veces ao día. Tamén vostede os lerá, pero máis tarde, cando eu estea máis calmado e poida facerlle entender todo o corazón e o amor que revela esta confesión. De momento teño un favor que pedirlle.

—Cal?

—Ten un coche abaixo?

—Si.

—Pois ben, quere coller o meu pasaporte e ir preguntar a correos se hai algunha carta para min? Meu pai e a miña irmá escribiríanme a París, e marchei con tal présa, que non tiven tempo de ir preguntar antes da miña partida.

Armando deume o seu pasaporte, e dirixinme á rúa de Jean-Jacques Rousseau

—Cando volva, iremos xuntos onda o comisario de policía para dispor a cerimonia de mañá.

Había dúas cartas a nome de Duval, collinas e volvín a casa do meu amigo.

Cando cheguei, Armando estaba vestido e preparado para saír.

—Grazas –díxome, collendo as cartas–. Si –engadiu despois de ollar os remites–, si, son de meu pai e da miña irmá. Non deben de entender o porqué deste silencio.

Abriu as cartas, e máis que lelas, adiviñounas, pois tiñan catro páxinas cada unha e, ao cabo dun intre, xa as dobrara.

—Vamos –díxome–, xa as contestarei mañá.

Fomos ver o comisario de policía, a quen Armando entregou o poder da irmá de Margarida.

O comisario deulle axiña unha orde de aviso na que poñía ao corrente o garda do cemiterio; acordamos que o traslado tería lugar ao día seguinte ás dez da mañá, que eu iría recollelo unha hora antes e que iriamos xuntos ao cemiterio.

Eu tamén sentía curiosidade por asistir aquel espectáculo, e confeso que non durmín en toda a noite. A xulgar polos pensamentos que me asaltaron, debeu ser unha longa noite para Armando.

Cando ao día seguinte ás nove da mañá entrei na súa casa, Armando estaba espantosamente pálido, mais semellaba tranquilo.

Sorriume e apertoume a man.

As velas estaban totalmente consumidas, e, antes de saír, Armando colleu unha carta moi grosa, dirixida a seu pai e confidente, sen dúbida, das súas impresións daquela noite.

Media hora despois chegabamos a Montmartre.

O comisario estábanos xa agardando.

Encamiñámonos paseniño en dirección á tumba de Margarida. O comisario ía diante, e Armando e mais eu seguiámolo a uns pasos.

De cando en vez sentía estarrecer convulsivamente o brazo do meu compañeiro, como se de súpeto lle percorresen calafríos por todo o corpo. Entón ollábao; el comprendía a miña mirada e sorría, mais dende que saimos da súa casa non intercambiaramos unha soa palabra.

Un pouco antes de chegar á tumba, Armando detívose para enxugar o rostro, cuberto de grosas pingas de suor.

Aproveitei aquel incidente para coller folgos, pois eu tamén tiña o corazón nun puño.

De onde procede ese doloroso pracer que experimentamos ante esta clase de espectáculos? Cando chegamos á tumba, o xardineiro retirara todas as macetas, quitaran o enreixado de ferro, e dous homes cavaban a terra.

Armando apoiouse contra unha árbore e ollou.

Toda a súa vida parecía cruzar por diante dos seus ollos.

De súpeto, unha das aixadas deu contra unha pedra. Ao oírmos aquel ruído, Armando retrocedeu coma ante unha conmoción eléctrica e apertoume a man con tal forza que me fixo dano.

O enterrador colleu unha pa grande e baleirou pouco a pouco a fosa; cando xa non quedaron máis que as pedras que cubrían o cadaleito, foinas botando fóra, unha a unha.

Observaba a Armando, pois temía que en calquera momento as súas emocións, visiblemente contidas, acabasen por danalo; mais el seguía ollando; tiña os ollos fixos e abertos coma se estivese tolo, e só un lixeiro tremor das meixelas e os beizos demostraban que estaba posuído por unha violenta crise nerviosa.

De min só podo dicir que lamentaba ter vido.

Cando o ataúde estivo totalmente descuberto, o comisario díxolles aos enterradores:

—Abran.

Os homes obedeceron como se fose a cousa máis natural do mundo.

O ataúde era de carballo, e puxéronse a desaparafusar a cuberta superior que facía de tapa. A humidade da terra enferruxara os parafusos, e non sen grandes esforzos abriron o ataúde. Un olor infecto espallouse malia as plantas aromáticas que cubrían o corpo.

—Oh, meu Deus! Meu Deus! –besbellou Armando, e palideceu aínda máis.

Ata os enterradores se botaron para atrás.

Un gran sudario branco cubría o cadáver, debuxando algunhas das súas sinuosidades. Este sudario estaba case completamente comido por unha das súas beiras, e deixaba ver un pé da morta.

Eu estaba a piques de atoparme mal, e aínda no momento no que escribo estas liñas o recordo daquela escena aparéceseme en toda a súa impoñente realidade.

—Apuremos –dixo o comisario.

Entón un dos dous homes estendeu a man e púxose a descoser o sudario e, colléndoo pola beira, descubriu de socato o rostro de Margarida.

Era horrible velo, pero máis horroroso é narralo.

Os ollos non eran máis que dous buratos, os beizos desapareceran e os brancos dentes estaban encaixados uns contra outros. Os longos cabelos, negros e secos, estaban pegados ás súas sens e velaban un pouco as cavidades verdes das meixelas e, no entanto, recoñecía naquel rostro a faciana branca, rosa e alegre que tantas veces vira.

Armando, sen poder afastar a mirada daquel rostro, levara o pano á boca e trabábao.

Eu sentín coma se un aro de ferro me apertara a cabeza, un veo cubriu os meus ollos, os oídos zoábanme, e o único que puiden facer foi abrir un frasco que levara por se acaso e aspirar fortemente os sales que contiña.

En medio daquel esvaecemento oín o comisario dicir ao señor Duval:

—Recoñécea vostede?

—Si –respondeu nun ton xoto o mozo.

—Entón pechen e léveno –dixo o comisario.

Os enterradores estenderon novamente o sudario sobre o rostro da morta, pecharon o ataúde, collérono cada un por un extremo e dirixíronse cara ao lugar que se lles indicara.

Armando non se movía. Os seus ollos estaban fixos naquela fosa baleira; estaba pálido coma o cadáver que acababamos de ver. Parecía petrificado.

Comprendín o que ía pasar cando a dor diminuíse pola ausencia do espectáculo e en consecuencia deixara de sostelo.

Achegueime ao comisario.

—A presenza do señor –dixen sinalando a Armando–, é necesaria aínda?

—Non –respondeume–, e mesmo lle aconsello que o leve de aquí, porque parece que se atopa mal.

—Veña –díxenlle entón a Armando, colléndoo do brazo.

—Que? –preguntoume, mirándome coma se non me coñecese.

—Acabouse –engadín–. Ten que irse, meu amigo. Está pálido, ten frío e vaise matar con estas emocións.

—Ten razón, ímonos –respondeu maquinalmente, mais sen dar un paso.

Entón collino polo brazo e arrastreino fóra de alí.

Deixouse levar coma un neno, murmurando soamente de cando en vez.

—Viu vostede os ollos?

Recuaba, coma se aquela visión o chamase.

A súa marcha tornouse irregular; parecía andar soamente a brincos; renxíanlle os dentes, tiña as mans frías, e unha violenta axitación nerviosa estábase apoderando de toda a súa persoa.

Faleille e non me respondeu.

O máis que podía facer era deixarse levar.

Á porta atopamos un coche.

Tan axiña como sentou, o estarrecemento aumentou e tivo un verdadeiro ataque de nervios, no medio do cal co temor de asustarme facíalle besbellar, apertándome a man:

—Non é nada, non é nada; quixera chorar.

E oín como o peito se lle inchaba e o sangue lle subía aos ollos, mais as bágoas non chegaban.

Fíxenlle aspirar do frasco que me servira a min, e cando chegamos á súa casa, o estarrecemento era o único que persistía.

Coa axuda do seu criado deiteino, mandei acender un bo lume no seu cuarto e corrín a procurar o meu médico, a quen lle contei o que acababa de acontecer.

Veu axiña.

Armando estaba púrpura, deliraba, tatabexaba palabras sen coherencia, entre as cales só se entendía con claridade o nome de Margarida.

—Que ten –díxenlle ao doutor unha vez que tivo examinado o enfermo.

—Pois ten unha febre cerebral, nin máis nin menos; e é unha sorte, pois creo, e Deus me perdoe, que se tería volto tolo. Por sorte a enfermidade física acabará coa enfermidade moral, e dentro dun mes quizais estará salvo das dúas.

VII

Doenzas coma a que atacara a Armando tiñan a vantaxe de que ou matan ao momento ou déixanse vencer axiña.

Quince días despois dos acontecementos que acabo de contar, Armando estaba en plena convalecencia e nosoutros unidos por unha estreita amizade. Non abandonei o seu cuarto en todo o tempo que durou a súa enfermidade.

A primavera chegara con abundantes flores, follas, paxaros, cancións, e a ventá do meu amigo abríase alegremente sobre o xardín, do que subían ata el os saudables recendos.

O médico permitírallle erguerse, e a miúdo quedabámonos charlando, sentados a carón da ventá aberta á hora en que o sol quentaba con máis forza, dende as doce ás dúas.

Eu gardábame moi ben de falarlle de Margarida, temendo sempre que ese nome espertase tristes lembranzas adurmiñadas baixo a calma aparente do enfermo; pero Armando, pola contra, parecía compracerse en falar dela, non xa coma outras veces, con bágoas nos ollos, senón cun doce sorriso que me tranquilizaba sobre o estado do seu ánimo.

Decateime que, dende a última visita ao cemiterio, dende o espectáculo que desencadeou nel aquela crise violenta, parecía que a enfermidade ateigara as medidas da dor moral, e que a morte de Margarida xa non se lle aparecía baixo o aspecto do pasado. Daquela certeza adquirida resultara unha especie de consolación, e, para afastar a imaxe sombría que se presentaba a miúdo ante el, refuxiábase nas felices lembranzas da súa unión con Margarida e non parecía querer aceptar ningunha máis.

O corpo estaba demasiado esgotado polo ataque e mesmo pola curación da febre para permitirlle ao espírito fortes emocións, e a alegría primaveral e universal que rodeaba a Armando, transportaba, sen querer, o seu pensamento cara a imaxes máis risoñas.

Negárase sempre teimosamente avisar á súa familia do perigo que corría e, cando xa estivo a salvo, seu pai ignoraba aínda a súa doenza.

Un serán quedamos na ventá ata máis tarde que de costume; fixera moi bo tempo e o sol poñíase nun luscofusco brillante de azul e ouro. Aínda que estabamos en París, o verdor que nos rodeaba parecía illarnos do mundo, e apenas interrompía a nosa conversa o ruído dos automóbiles.

—Foi máis ou menos por esta época do ano e na tarde dun día coma este cando coñecín a Margarida –díxome Armando, escoitando os seus propios pensamentos e non o que eu lle dicía.

Non lle respondín nada.

Entón virouse cara a min, e díxome:

—Cómpre que lle conte esta historia; vostede escribirá un libro con ela, que ninguén crerá, pero que quizais será interesante escribir.

—Xa me contará iso máis adiante, meu amigo –díxenlle–, aínda non se repuxo de todo.

—A noite é calorosa, comín peituga de polo –díxome sorrindo–; non teño febre, non temos nada que facer, así que voullo contar todo.

—Xa que se empeña, escóitoo.

—É unha historia moi sinxela –engadiu entón–, e voulla contar seguindo a orde dos acontecementos. Se algún día fai algo con ela, é libre de contala como queira.

Velaquí o que me contou, e que apenas cambiei unhas palabras daquel conmovedor relato:

Si! –continuou Armando, botando a cabeza contra o respaldo da cadeira de brazos–. Si, foi nunha noite coma esta! Fora pasar o día no campo cun dos meus amigos, Gastón R... Pola tarde tornamos a París, e sen saber que facer, entramos no teatro Variétés.

Saímos durante un entreacto, e no corredor cruzámonos cunha muller alta e fermosa, a quen o meu amigo saudou.

—A quen saúda? –pregunteille.

—A Margarida Gautier –díxome.

—Paréceme que está moi cambiada, pois non a recoñecín –dixen, cunha emoción que axiña vai entender.

—Estivo enferma, a pobre non chegará moi lonxe.

Lembro estas palabras coma se mas dixese onte.

Cómpre que saiba, amigo meu, que había dous anos que, sempre que me atopaba con aquela rapaza, a súa vista causábame unha estraña impresión.

Sen saber por que, púxenme pálido e o meu corazón latexaba violentamente.

Teño un amigo que se dedica ás ciencias ocultas e que chamaría ao que eu experimentaba afinidade de fluídos; eu creo simplemente que estaba destinado a namorarme de Margarida e que o presentía.

O caso é que sempre me causaba verdadeira impresión, e que varios dos meus amigos que se decataron diso riron non pouco ao recoñecer quen me orixinaba aquela impresión.

A primeira vez que a vin foi na praza da Bourse, á porta de Susse. Unha carruaxe descuberta parou alí, e dela baixou unha muller vestida de branco. Un murmurio de admiración acolleu a súa entrada na tenda.

En canto a min, fiquei cravado no sitio dende que entrou ata que saíu. A través dos cristais miraba como escollía na boutique o que fora mercar. Puiden entrar, mais non me atrevín. Non sabía quen era aquela muller e temía que adiviñase o motivo da miña entrada na tenda e se ofendese. No entanto, cría que non a volvería ver máis.

Ía elegantemente vestida; levaba un vestido de muselina rodeado de volantes, un chal da India cadrado coas beiras bordadas de ouro e flores de seda, un sombreiro de palla de Italia e unha única pulseira, grosa cadea de ouro que comezaba a pórse de moda por aquela época.

Volveu subir á súa carruaxe e marchou.

Un dos dependentes da tenda quedou na porta, seguindo coa mirada o coche da elegante compradora. Achegueime a el e rogueille que me dixese o nome daquela muller.

—É a señorita Gautier –respondeume.

Non me atrevín a preguntarlle o seu enderezo e marchei.

A lembranza daquela visión, pois foi unha verdadeira visón, quedoume gravada na miña mente como outras que xa tivera, e comecei a buscar por algures aquela muller branca tan soberanamente fermosa.

Poucos días despois, tivo lugar unha representación na Ópera-Cómica. Fun vela. A primeira persoa que vin nun palco proscenio do anfiteatro foi Margarida Gautier.

O mozo con quen eu estaba recoñeceuna tamén, pois díxome:

—Olle que fermosa muller!

Nese intre Margarida dirixía os seus anteollos cara ao noso lado; viu o meu amigo, sorriulle e acenoulle para que a fose visitar.

—Vou saudala –díxome–, e volvo decontado.

Non puiden deixar de dicirlle:

—Que sorte ten vostede!

—Por que?

—Por ir ver esa muller.

—É que está namorado dela?

—Non –dixen, poñéndome encarnado, pois realmente non sabía que pensar sobre iso–, mais si que me gustaría coñecela.

—Pois veña vostede comigo e presentareilla.

—Pídalle primeiro permiso.

—Ai, por Deus! Non hai que andar con tantas formalidades con ela, veña.

Aquelas palabras causáronme unha gran mágoa. Tremía ante a idea de corroborar que Margarida non merecese o que sentía por ela.

Hai un libro de Alfonso Karr, titulado Am Rauchen, no que un home segue pola noite a unha muller moi elegante e tan fermosa, que se namorou dela á primeira. Por bicar a man daquela muller, séntese con forzas para intentalo todo, con vontade para conquistalo todo e con ánimo de facelo todo. Apenas se atreve a ollar un anaco da bonita perna que deixa entrever ao levantar o vestido para que non se manche ao tocar o chan. Mentres vai soñando en todo o que sería capaz de facer para posuír aquela muller, ela deteno na esquina dunha rúa e pregúntalle se quere subir á súa casa.

El vira a cabeza, atravesa a rúa e marcha moi triste.

Lembraba esta anécdota, e eu, que querería sufrir por aquela muller, temía que me aceptase deseguida e me concedese demasiado axiña un amor que quixera pagar cunha longa espera ou un gran sacrificio. Somos así os homes; e é unha sorte que a imaxinación deixe esta poesía aos sentidos e que os desexos do corpo fagan esta concesión aos soños da alma.

En fin, se me dixesen: «Terá vostede esta muller esta noite e mañá matarano», aceptaría. Pero se me dixesen: «Déalle dez luíses, e será vostede o seu amante», rexeitaríao e choraría coma un neno que ve esvaecer, cando acorda, o castelo enxergado en soños durante a noite.

A pesar de todo, quería coñecela; era unha maneira, a única, de saber a que aterme con ela.

Díxenlle, pois, ao meu amigo, que prefería que ela me concedese o permiso para presentarme, e comecei a dar voltas polos corredores, imaxinándome que dun momento a outro ía verme, e que non sabería que actitude adoptar cando me mirase.

Tratei de preparar de antemán as palabras que lle ía dicir. Que sublime infantilidade a do amor!

Un momento despois volveu o meu amigo.

—Agárdanos –díxome.

—Está soa? –pregunteille.

—Con outra muller.

—Non hai homes?

—Non.

—Pois, vamos.

O meu amigo dirixiuse cara á porta do teatro.

—Eh, que non é por aí! –díxenlle.

—Imos mercarlle bombóns. Pediumos.

Entramos nunha confeitaría da calella da Ópera.

Quixera mercarlle a tenda enteira e ata me preguntaba de que podiamos encher a bolsa, cando o meu amigo pediu:

—Unha libra de uvas confeitadas.

—Sabe se lle gustan?

—Todo o mundo sabe que non come nunca outros bombóns. Ah! –continuou cando saímos–, sabe que clase de muller lle vou presentar? Non vaia figurarse que é unha duquesa; é simplemente unha muller pública, do máis pública que hai, querido amigo; así que non se preocupe e diga todo o que lle pase pola cabeza.

—Ben, ben –besbellaba e seguíao, dicindo para min que me ía curar da miña paixón.

Cando entrei no palco, Margarida ría ás gargalladas.

Quixera que estivese triste.

O meu amigo presentoume. Margarida fíxome unha lixeira inclinación de cabeza e dixo:

—E os meus bombóns?

—Velaquí.

Ao collelos, miroume. Baixei os ollos e arroibeime.

Achegouse ao oído da súa veciña e díxolle unhas palabras moi baixo, e ambas botáronse a rir.

Con toda a seguridade era eu a causa daquel riso; o meu azoramento aumentou. Daquela tiña por querida unha burguesiña moi tenra e moi sentimental, cuxo sentimento e melancólicas cartas me facían rir. Comprendín entón o mal que lle debía de facer polo que eu experimentaba nese intre, e durante cinco minutos ameina como ninguén quixo xamais a unha muller.

Margarida comía as uvas sen preocuparse de min.

O meu presentador non quixo deixarme naquela ridícula posición.

—Margarida –díxolle–, non se estrañe de que o señor Duval non lle diga nada, mais é que vostede teno atordado de tal xeito que non sabe que dicir.

—Máis ben creo que o señor acompañouno aquí porque vostede non desexaba vir só.

—Se iso fose verdade –dixen entón–, non lle rogaría a Ernesto que lle pedise permiso para ser presentado.

—Quizais non fose máis que un xeito de atrasar o momento fatal.

Por pouco que un convivise con mulleres da clase de Margarida, sábese o pracer que senten en darse de listas e en amolar a xente que ven por primeira vez. É sen dúbida unha vinganza das humillacións que a miúdo están forzadas a sufrir por parte dos que as ven a diario.

Así que para responderlles só fai falla estar un pouco acostumado ao seu ambiente, e eu non o estaba; ademais a idea que me fixera de Margarida facíame esaxerar as súas bromas. Nada que viñera daquela muller me era indiferente. Así que, ergínme, dicíndolle cunha voz alporizada que me foi imposible agochar completamente:

—Se é iso o que pensa de min, señora, non me queda máis que pedirlle perdón pola miña indiscreción e despedirme de vostede, asegurándolle que non se volverá repetir.

Dito isto, saudei e saín.

Apenas pechei a porta, cando oín por terceira vez outras gargalladas. Desexaría que alguén me provocase naquel momento.

Volvín á miña butaca.

Chamaron para erguer o pano.

Ernesto volveu onda min.

—Como se puxo vostede! –díxome ao sentar–. Cren que está tolo.

—Que dixo Margarida cando saín?

—Riu e aseguroume que non vira xamais un tipo tan raro coma vostede. Pero non cómpre darse por vencido; soamente é preciso que non lles faga o honor a esas mulleres de tomalas tan en serio; non saben o que é a elegancia nin a cortesía; é como botarlles perfume aos cans: cren que olen mal e van mergullarse no regato.

—Despois de todo, a min que me importa? –dixen, tratando de adoptar un ton desenvolto. Non volverei ver xamais esa muller, e se me gustaba antes de coñecela, cambiei moito dende que a coñezo.

—Bah! Non perdo a esperanza de velo un día ao fondo do seu palco nin de oír dicir que está arruinado por ela. Ademais, ten razón: será unha maleducada, pero paga a pena ter unha amante tan fermosa como ela.

Afortunadamente ergueron o pano e o meu amigo calou.

Dicirlle o que se representaba seríame imposible. Todo o que lembro é que, de cando en vez, levantaba a vista cara ao palco que deixara tan de súpeto, e vía nel caras de novos visitantes que aparecían a cada pouco.

No entanto, non só pensaba no que ocorrera con Margarida, senón que outro sentimento se apoderaba de min. Parecíame que tiña que esquecer o seu insulto e o meu ridículo; dicíame que, aínda que tivese que gastar canto posuía, aquela muller sería miña e ocuparía por dereito o sitio que tan axiña abandonara.

Antes de que rematase o espectáculo, saíron do palco Margarida e a súa amiga.

Sen querer tamén eu deixei a miña butaca.

—Vaise? –díxome Ernesto.

—Si.

—Por que?

Naquel momento decateime de que o palco estaba baleiro.

—Ande, ande –dixo–, e boa sorte, ou mellor dito, sorte.

Saín.

Oín pola escaleira o estralo da seda dos vestidos e un murmurio de voces. Afasteime, e, sen ser visto, vin pasar as dúas mulleres e os dous mozos que as acompañaban.

Baixo o perístilo do teatro achegouse a elas o rapaz dos recados.

—Vaille dicir ao cocheiro que agarde á porta do café Anglais –dixo Margarida–; iremos a pé ata alí.

Algúns minutos despois, vagando polos bulevares, vin nunha ventá dun dos grandes reservados do restaurante a Margarida apoiada no peitoril, esfollando unha a unha as camelias do seu ramo.

Un dos dous mozos estaba inclinado sobre as súas costas e faláballe baixo.

Fun situarme na Maison d’Or, nos salóns do primeiro andar, e non perdín de vista a ventá en cuestión. Á unha da madrugada Margarida volvía subir á súa carruaxe cos seus tres amigos.

Tomei un cabriolé e seguina.

O coche detívose na rúa Antin, nº 9.

Margarida apeouse e entrou soa na casa.

Foi sen dúbida unha casualidade; pero aquela casualidade fíxome moi ditoso.

Desde aquel día atopei a miúdo a Margarida nos espectáculos e nos Campos Elisios. Ela sempre coa mesma alegría, eu sempre coa mesma emoción.

No entanto, pasaron quince días sen que a volvese ver por ningures. Atopei a Gastón e pregunteille por ela.

—A pobre está moi mal –respondeume.

—Que ten?

—Ten que está tísica e que, como a vida que levou non é a máis axeitada para curarse, está na cama e morrendo.

O corazón humano é estraño; case me alegrei daquela enfermidade.

Ía todos os días preguntar pola enferma, aínda que sen escribir o meu nome nin deixar a miña tarxeta. Así me informei da súa convalecencia e da súa partida a Bagnères.

Despois pasou o tempo; a impresión, se non o recordo, pareceu borrarse pouco a pouco da miña mente. Viaxei; novas unións, costumes e traballos ocuparon o lugar daquel pensamento e, cando pensaba naquela primeira aventura, non quería ver nela máis que unha desas paixóns que se teñen cando se é novo e das que un se ri pouco tempo despois. Ademais, non tiña ningún mérito saír triunfante daquela lembranza, pois perdera de vista a Margarida dende a súa ida e, como xa lle dixen, cando pasou xunta min no corredor de Variétés, non a recoñecín. Levaba un veo, é verdade; pero por moi tapada que estivese dous anos antes non tería necesidade de vela para recoñecela: adiviñaríaa.

O que non me impediu que o meu corazón latexase cando souben que era ela; e os dous anos pasados sen vela e os resultados que aquela separación parecía ocasionar esvaecéronse coma o fume soamente co rozamento do seu vestido.

VIII

Non obstante –continuou Armando despois dunha pausa–, aínda que comprendendo que estaba namorado, sentíame máis forte que outras veces, e no meu desexo de volver atoparme con Margarida había tamén unha vontade de facerlle ver a superioridade que sobre ela conseguira.

Cantos camiños toma e que razóns se lle dá ao corazón para chegar ao que se desexa!

Así que non puiden ficar moito tempo nos corredores, e volvín ocupar o meu sitio do patio de butacas, botando unha ollada rápida á sala para ver en que palco se atopaba ela.

Estaba no proscenio do entresollado e completamente soa. Parecíame moi cambiada; como xa lle dixen, non atopei na súa boca aquel sorriso indiferente; víase que sufrira e que sufría aínda.

Malia estarmos xa en abril, ía vestida como en inverno e toda cuberta de veludo.

Ollábaa tan teimosamente, que a miña mirada acabou por atraer a súa.

Mirou uns intres, colleu os anteollos para verme mellor, e sen dúbida, creu recoñecerme, sen poder seguramente dicir quen era, pois cando deixou os anteollos, un sorriso, ese saúdo encantador das mulleres, vagou polos seus beizos para responder ao saúdo que parecía esperar de min; mais non lle correspondín para facerlle ver que a esquecera, cando ela se lembraba de min.

Pensou que se equivocara e deuse a volta.

Ergueron o pano.

Vin moitas veces a Margarida no teatro, mais non a vin xamais ter o menor interese polo que se representaba.

Tamén a min o espectáculo me interesaba ben pouco e non me ocupaba máis que dela, mais facendo grandes esforzos para que non o notase.

Así, vin que intercambiaba miradas coa persoa que ocupaba o palco de enfronte; albisquei aquel palco e nel recoñecín unha muller coa que tivera bastante trato.

Aquela muller era unha antiga muller pública, que intentara entrar no teatro; que non o conseguira, e que, valéndose das súas relacións coas elegantes de París, dedicouse ao comercio e puxo unha sombreiraría de señoras.

Vin nela un medio de atoparme con Margarida, e aproveitei un momento en que ollaba cara ao meu lado para facerlle un aceno coa man e cos ollos.

Sucedeu como previra; chamoume para que fose xunta ela.

Prudencia Duvernoy –era o afortunado nome da sombreireira– era unha desas mulleres grosas de corenta anos, coas cales non hai necesidade de ter unha gran diplomacia para facerlles dicir o que un desexa saber, sobre todo cando o que se quere saber é tan sinxelo como o que lle tiña que preguntar.

Aproveitei un deses momentos en que comezaba de novo as súas correspondencias con Margarida para dicirlle:

—A quen mira dese xeito?

—A Margarida Gautier.

—Coñécea?

—Si; son a súa sombreireira, e ela é a miña veciña.

—Entón vive na rúa Antin?

—Número 7. A ventá do seu cuarto de baño dá sobre a ventá do meu.

—Din que é unha rapaza encantadora.

—Non a coñece?

—Non, mais gustaríame coñecela.

—Quere que lle diga que veña ao noso palco?

—Non, prefiro que vostede ma presente.

—Na súa casa?

—Si.

—Iso é máis difícil.

—Por que?

—Porque é a protexida dun vello duque moi celoso.

—Protexida, iso é marabilloso.

—Si, protexida –repuxo Prudencia–. O pobre do vello veríase moi apurado para ser o seu amante.

Prudencia contoume entón como Margarida coñecera o duque en Bagnères.

—Por iso é polo que está aquí soa? –díxenlle.

—Xustamente.

—Pero quen a acompaña entón?

—El.

—Vai vir recollela?

—Dentro dun momento.

—E a vostede quen a acompaña?

—Ninguén.

—Ofrézome eu.

—Pero creo que está cun amigo.

—Ofrecémonos, entón.

—Que tal é o seu amigo?

—É un mozo moi simpático, moi enxeñoso, e que estará encantado de coñecela.

—Ben, de acordo; sairemos os catro xuntos despois desta peza, pois xa coñezo a derradeira.

—Con moito gusto; vou avisar o meu amigo.

—Ala,vaia... Ah! –díxome Prudencia no momento no que ía saír–, velaí o duque, que entra no palco de Margarida.

Mirei.

En efecto, un home de setenta anos acababa de sentar detrás da moza e dáballe unha bolsa de bombóns, da que deseguida tirou un sorrindo, e despois estendeuna cara a fóra do palco facéndolle a Prudencia acenos que podían traducirse por:

—Quere?

—Non –dixo Prudencia.

Margarida colleu a bolsa e, dándose a volta, púxose a charlar co duque.

O relato de todos estes detalles parecen unha nimiedade, mais todo canto se refire a aquela muller está tan presente na miña mente, que non podo deixar de lembralo hoxe.

Baixei para avisar a Gastón do que acababa de arranxar para el e para min.

Aceptou.

Deixamos as butacas para subir ao palco da señora Duvernoy.

Apenas abriramos a porta do patio de butacas, cando nos vimos obrigados a deter para deixar pasar a Margarida e o duque, que se ían.

Tería dado dez anos da miña vida por estar no lugar do bo vello.

Ao chegaren ao bulevar, axudoulle a acomodarse nun faetón que guiaba el mesmo, e desapareceron, levados ao trote por dous magníficos cabalos.

Entramos no palco de Prudencia.

Cando rematou a peza, baixamos e collemos un simple simón, que nos conduciu á rúa Antin, número 7. Á porta da súa casa, Prudencia invitounos a subir para amosarnos a súa tenda, que non coñeciamos e da que ela parecía sentirse moi orgullosa. Pode imaxinarse o axiña que aceptei.

Parecíame que me ía achegando pouco a pouco a Margarida. Axiña conseguín que recaera a conversa sobre ela.

—O vello duque está na casa da súa veciña? –pregunteille a Prudencia.

—Non, debe de estar soa.

—Pero entón vaise aburrir horriblemente! –dixo Gastón.

—Acostumamos saír xuntas case todas as noites, ou, se non, cando volve, chámame. Non se deita xamais antes das dúas da mañá. Non pode durmir antes.

—Por que?

—Porque está enferma do peito e case sempre ten febre.

—Non ten amantes? –preguntei.

—Non vexo nunca quedar a ninguén cando me vou; mais non respondo de que non veña alguén cando marcho; atopo a miúdo na súa casa pola noite a un tal conde de N..., que cre gañar terreo nos seus asuntos visitándoa ás once e enviándolle todas as xoias que quere, mais Margarida non o pode ver nin en pintura. Comete un erro; é un mozo moi rico. Por máis que lle digo de vez en cando: «Miña querida, é o home que lle convén!», ela que normalmente me fai bastante pouco caso, dáme as costas e respóndeme que é moi parvo. Que é parvo, estou de acordo, mais sería para ela unha posición, mentres que o vello duque pode morrer dun día para outro. Os anciáns son egoístas; a súa familia repróchalle sen parar a súa tenrura con Margarida; velaí dúas razóns para que non lle deixe nada. Repréndoa, mais ela respóndeme que sempre haberá tempo de se arranxar co conde á morte do duque. Non resulta tan divertido vivir coma ela vive –continuou Prudencia–; sei ben que iso non rezaría comigo e que mandaría axiña a paseo ese bo home. É un vello insípido; chámalle filla, cóidaa coma se fose unha nena, sempre anda detrás dela. Estou segura de que a estas horas un dos seus criados anda pola rúa para ver quen sae e, sobre todo, quen entra.

—Ai, pobre Margarida! –dixo Gastón, poñéndose ao piano e tocando un valse–; eu non sabía iso. No entanto, xa había algún tempo que a atopaba menos leda.

—Calade! –dixo Prudencia poñendo o oído.

Gastón deixou de tocar.

—Creo que me chaman.

Escoitamos.

En efecto, unha voz chamaba por Prudencia.

—Veña, señores, marchen! –díxonos a señora Duvernoy.

—Ah! É así como entende vostede a hospitalidade? –dixo Gastón rindo–; irémonos cando nos pareza ben.

—Por que nos temos que ir?

—Vou a casa de Margarida.

—Agardaremos aquí.

—Iso non pode ser.

—Entón iremos con vostede.

—Menos aínda.

—Eu coñezo a Margarida –dixo Gastón–, e ben lle podo ir facer unha visita.

—Pero Armando non a coñece.

—Presentareilla

—É imposible.

Oímos de novo a voz de Margarida que seguía chamando a Prudencia. Esta correu ao seu cuarto de baño. Seguina ata alí con Gastón. Abriu a ventá. Agochámonos para non ser vistos dende fóra.

—Levo chamándoa dez minutos –dixo Margarida dende a ventá e cun ton case autoritario.

—Que quere?

—Quero que veña deseguida.

—Por que?

—Por que o conde de N... está aínda aquí e estou morta de aburrimento.

—Non podo agora.

—Quen llo impide?

—Teño na casa dous mozos que non queren marchar.

—Dígalles que ten que saír.

—Xa llelo dixen.

—Pois ben, déixeos na casa; cando a vexan saír, iranse.

—Ademais, hai outra cousa.

—Que queren?

—Queren vela.

—Como se chaman?

—Vostede coñece a un, o señor Gastón R...

—Ah, si! Coñézoo. E o outro?

—Armando Duval. Non o coñece?

—Non, mais tráiao de todos os xeitos, prefiro calquera cousa antes que o conde. Agárdoos; veñan axiña.

Margarida pechou a súa ventá e Prudencia a súa.

Margarida, que lembrara por un momento o meu rostro, non se lembraba do meu nome. Preferiría unha lembranza desfavorable que aquel esquecemento.

—Xa sabía eu –dixo Gastón– que lle encantaría vernos.

—Encantada non é a palabra –dixo Prudencia, poñendo o chal e o sombreiro–; recíbeos para facer marchar o conde. Traten de ser máis amables ca el ou rifará comigo; coñezo a Margarida.

Seguimos a Prudencia mentres baixaba.

Tremía; parecíame que aquela visita ía ter unha grande influencia na miña vida.

Estaba aínda máis emocionado cá noite da miña presentación no palco da Ópera-Cómica.

Ao chegarmos á porta do apartamento, que xa coñece vostede, o corazón latexábame con tanta forza, que se me ía o pensamento.

Chegaron ata nosoutros uns acordes de piano.

Prudencia chamou.

O piano calou.

Unha muller, que parecía máis ben unha señora de compañía que unha doncela, saíu a abrirnos.

Pasamos ao salón; do salón á sala, que estaba naquela época tal como a viu vostede despois.

Un mozo estaba apoiado contra a cheminea. Margarida, sentada diante do piano, deixaba esvarar os dedos polas teclas, e comezaba pezas que non remataba.

Aquela escena ofrecía un aspecto de aburrimento, que no home era produto do violento da súa nulidade, e na muller, da visita daquel lúgubre personaxe.

Ao oír a voz de Prudencia, Margarida ergueuse, e vindo cara a nós, despois de intercambiar unha mirada de agradecemento coa señora Duvernoy, díxonos:

—Entren, señores, e sexan benvidos.

IX

—Boas noites, meu querido Gastón –díxolle Margarida ao meu compañeiro–; alégrome moito de velo. Por que non entrou no meu palco de Variétés?

—Temía ser indiscreto.

—Os amigos –e Margarida subliñou esa palabra coma se quixese dar a entender aos que alí nos atopabamos que, malia a familiaridade con que o recibía, Gastón non era nin fora nunca un amigo–; os amigos non son xamais indiscretos.

—Entón, permítame que lle presente o señor Armando Duval?

—Xa autorizara a Prudencia para que o fixera.

—Ademais, señora –díxenlle entón, debruzándome e conseguindo que as miñas palabras fosen intelixibles–, xa tiven o honor de serlle presentado.

Os encantadores ollos de Margarida semellaban procurarme nos seus recordos, mais non se lembrou ou pareceu non lembrarse.

—Señora –díxenlle–, agradézolle infinitamente que esquecese aquel primeiro encontro, pois estiven moi ridículo e debín parecerlle un eslamiado. Foi hai dous anos na Ópera-Cómica, estaba con Ernesto de...

—Ah, xa me lembro! –dixo Margarida sorrindo–. Non foi vostede o que estivo ridículo, fun eu quen estiven inoportuna amolándoo coas miñas brincadeiras, como o sigo facendo moitas veces, aínda que menos que antes. Perdooume vostede?

E tendeume a man, e biqueilla.

—É verdade –seguiu ela–. Imaxínese, teño o mal costume de desconcertar a xente que vexo por primeira vez. É unha parvada. O meu médico di que é porque estou sempre nerviosa e delicada: crea o meu médico.

—Mais ten moi bo aspecto.

—Ai!, pero estiven moi enferma.

—Xa o sei.

—Quen llo dixo?

—Sabíao todo o mundo. Vin a miúdo a saber novas de vostede e alegreime moito cando souben da súa convalecencia.

—Non me entregaron nunca a súa tarxeta.

—Non a deixei nunca.

—Non será vostede, entón, ese mozo que viña preguntar acotío durante a miña enfermidade e que non quixo nunca deixar o seu nome?

—Son eu mesmo.

—Entón é vostede máis que indulxente, é xeneroso. Non faría vostede iso –engadiu, virándose cara ao señor de N..., despois de botarme unha desas olladas coas que as mulleres completan a súa opinión sobre un home.

—Só hai dous meses que a coñezo –contestou o conde.

—E o señor só hai cinco minutos que me coñece. Vostede sempre contesta parvadas.

As mulleres son desapiadadas coas persoas que non do seu agrado.

O conde púxose encarnado e mordeu os beizos.

Compadecinme del, pois semellaba estar tan namorado coma min, e a dura franqueza de Margarida debía de facelo moi desgraciado, sobre todo en presenza de dous estraños.

—Estaba vostede tocando cando entramos? –dixen para cambiar de conversa–; non me fará o favor de tratarme coma un vello amigo e continuar tocando?

—Oh! –dixo, botándose no sofá e facéndonos sinais para que sentásemos–. Gastón coñece ben a clase de música que toco. Está ben cando estou a soas co conde, mais non lles quero facer sufrir semellante suplicio.

—Ten vostede ese trato preferente comigo? –contestou o conde de N... cun sorriso que tratou que fose irónico.

—Fai mal en reprocharmo, porque é o único.

Estaba visto que aquel pobre mozo non podía dicir nin unha palabra. Botoulle a Margarida unha ollada verdadeiramente suplicante.

—Dígame, Prudencia –continuou ela–, fixo o que lle preguei?

—Si.

—Está ben, xa mo contará despois. Temos que charlar; non se vaia sen que falemos.

—Creo que fomos, sen dúbida, inoportunos –dixen eu entón–, e xa que tivemos ou, máis ben, tiven unha segunda presentación para facer esquecer a primeira, Gastón e mais eu imos retirarnos.

—Por nada do mundo; non é por vostedes por quen digo isto. Ao contrario, quero que queden.

O conde sacou un reloxo moi elegante e mirou a hora.

—Xa é hora de que vaia ao club –dixo.

Margarida non respondeu nada.

O conde afastouse entón da cheminea, e, indo cara a ela, díxolle:

—Adeus, señora.

Margarida ergueuse.

—Adeus, meu querido conde –díxolle–; vaise xa?

—Si, temo que a estou aburrindo.

—Non me aburre hoxe máis que outros días. Cando o volveremos ver?

—Cando mo permita.

—Entón, adeus!

Recoñecerá que aquilo foi unha crueldade.

Afortunadamente o conde tiña moi boa educación e un excelente carácter. Contentouse con bicar a man que Margarida lle tendía de bastante mala gana e con saír despois de saudarnos.

No momento de atravesar a porta ollou para Prudencia.

Esta encolleuse de ombreiros como dicindo: «Que quere vostede, fago todo o que podo».

—Nanine! –berrou Margarida–, alúmalle ao señor conde.

Oímos abrir e pechar a porta.

—Por fin se foi! –exclamou Margarida, volvendo aparecer–; ese rapaz ponme dos nervios.

—Miña querida neniña –dixo Prudencia–, hai que ver o mala que é con el, co bo e atento que é con vostede. E, unha vez máis, deixou enriba da cheminea ese reloxo que lle regalou, e que estou segura de que lle custaría mil escudos polo menos.

E a señora Duvernoy, que se achegara á cheminea, enredaba coa alfaia da que falaba mentres lle botaba olladas envexosas.

—Miña querida –dixo Margarida, sentando ao piano–, cando poño, por un lado, os agasallos que me fai, e, polo outro, o que me di, aínda me parece que as súas visitas lle saen baratas.

—O pobre rapaz está namorado de vostede.

—Pois se fose escoitar a todos os que están namorados de min, non tería nin tempo para comer.

E fixo esvarar os seus deus dedos polo piano; despois deuse a volta cara a nós e dixo:

—Queren tomar algo? Eu bebería de boa gana un pouco de ponche.

—E eu comería con moito gusto un pouco de polo –dixo Prudencia–. E se cenásemos?

—Iso é, imos cear –dixo Gastón.

—Non, imos cear aquí –dixo Margarida.

Chamou. Apareceu Nanine.

—Di que vaian buscar algo de cear.

—Que mando traer?

—O que queiras, mais de présa, deseguida.

Nanine saíu.

—Moi ben –dixo Margarida brincando coma unha nena–, imos cear. Que parvo e aburrido é ese conde!

Canto máis vía aquela muller máis me encantaba. Era tan fermosa coma un soño! A súa mesma delgadeza era unha graza.

Estaba nesas contemplacións.

O que me pasaba apenas o podo explicar; sentíame cheo de indulxencia cara á súa vida, cheo de admiración pola súa beleza. Esa proba de desinterese que daba, non aceptando un home novo, elegante e rico, disposto a arruinarse por ela, desculpaba aos meus ollos todas as súas faltas pasadas. Había naquela muller algo, coma unha especie de candor.

Víase que estaba aínda nos comezos do vicio. O seu andar seguro, o seu talle esvelto, as ventás do nariz rosadas e abertas e os seus grandes ollos lixeiramente rodeados de azul denotaban unha desas naturezas ardentes que esparexen ao seu redor un perfume de voluptuosidade, coma eses pos de Oriente que, por ben pechados que estean, deixan fuxir o aroma da esencia que conteñen.

En fin, fose por natureza, fose consecuencia do seu estado enfermizo, pasaban de cando en vez polos ollos daquela muller lampos de desexo, cuxa alegría sería unha revelación do ceo para quen ela amase. Mais os que amaran a Margarida xa non podían contarse, e os que ela amara non se contaban aínda.

En resumo, recoñecíase naquela muller a virxe a quen o azar convertera en cortesá, e a cortesá a quen unha fada convertera na virxe máis agarimosa e máis pura.

Aínda quedaba en Margarida orgullo e independencia, dous sentimentos que, feridos, son capaces de facer o que fai o pudor. Eu non dicía nada; a miña alma parecía ter pasado totalmente ao meu corazón e o meu corazón aos meus ollos.

—Así que –dixo ela de súpeto–, é vostede o que viña saber de min cando estaba enferma?

—Si.

—Sabe que iso é moi fermoso. E que podo facer para agradecerllo?

—Permitirme que veña, de cando en vez, a vela.

—Sempre que queira, de cinco a seis da tarde e dende as once ata as doce da noite. Gastón, toque A invitación ao valse.

—Por que?

—Primeiro, para darme gusto, e despois, porque non consigo tocala soa.

—Que é o que lle sae mal?

—A terceira parte, o fragmento en sostidos.

Gastón ergueuse, púxose ao piano e comezou esa marabillosa melodía de Weber, cuxa partitura estaba aberta sobre o atril.

Margarida, cunha man apoiada no piano, ollaba o caderno, seguindo cos ollos cada nota, que acompañaba en voz baixa, e, cando Gastón chegou á pasaxe que ela lle indicara, cantaruxaba mentres tocaba cos dedos na tapa do piano: re, mi, re, do, re, fa, mi, re; iso é o que non me sae. Comece outra vez.

Gastón comezou de novo, despois Margarida díxolle:

—Agora déixeme intentalo.

Ocupou o seu sitio e púxose a tocar; mais os seus dedos rebeldes equivocábanse sempre ao chegar a unha das notas que lle acabo de dicir.

—É incrible –dicía cun verdadeira entoación infantil– que non consiga tocar esa pasaxe! Poderán crer que algunhas veces quedo ata as dúas ensaiándoa? E cando penso que ese imbécil do conde a toca de memoria e admirablemente, póñome furiosa con el.

Volveu comezar, sempre cos mesmos resultados.

—Que o diaño leve a Weber, a música e os pianos! –dixo guindando o caderno ao outro extremo do cuarto–. Como se pode entender que non sexa capaz de tocar oito sostidos seguidos?

E cruzábase de brazos, ollándonos e golpeando o chan co pé.

O sangue subiulle ás meixelas e unha tose lixeira entreabriu os seus beizos.

—Veña, veña! –dixo Prudencia, que quitara o sombreiro e alisaba os cabelos diante do espello–; aínda vai alporizarse e pórse mala; mais vale que vaiamos cear, estou morrendo de fame.

Margarida chamou de novo, despois volveuse pór ao piano e comezou a cantar a media voz unha canción libertina, en cuxo acompañamento non se equivocaba.

Gastón sabía aquela canción, e remataron por facer unha especie de dúo.

—Non cante esas porcalladas –díxenlle familiarmente a Margarida e cun ton de rogo.

—Ai, que casto é vostede! –díxome sorrindo e tendéndome a man.

—Non é por min, é por vostede.

Margarida fixo un xesto que quería dicir: «Oh, xa hai moito tempo que acabei coa castidade!».

Nese intre entrou Nanine.

—Está preparada a cea? –preguntou Margarida.

—Si, señora, dentro dun momento.

—A propósito –díxome Prudencia–, non viu vostede o piso; veña que llo amose.

Como xa sabe, o salón era unha marabilla.

Margarida acompañounos un pouco, chamou despois a Gastón e entrou con el no comedor para ver se a cea estaba lista.

—Oia –dixo en voz alta Prudencia, ollando cara a unha repisa e collendo unha figura de porcelana de Saxonia–. Non lle coñecía este pequeno homiño?

—Cal?

—Un pastorciño que ten unha gaiola cun paxaro.

—Quede con el se lle gusta.

—Ah, mais non quixera que se quedara sen el.

—Ía darllo á miña doncela; paréceme horroroso; pero xa que lle gusta, cóllao.

Prudencia non viu máis que o agasallo e non como llo fixeran. Afastou o homiño e levoume ao cuarto de aseo, onde, amosándome dúas miniaturas que facían xogo, díxome:

—Mire, o conde de G..., que estivo moi namorado de Margarida; foi el quen a deu a coñecer. Coñéceo?

—Non. E esta? –preguntei, sinalando a outra miniatura.

—É do pequeno vizconde de L... Viuse obrigado a marchar.

—Por que?

—Porque estaba case arruinado. Ese si que quería a Margarida!

—E ela tamén o querería moito, sen dúbida.

—Cunha rapaza tan rara como esta unha nunca sabe a que aterse. A noite que se foi, ela estaba no teatro, coma de costume, e no entanto chorara no momento da despedida.

Nese intre, apareceu Nanine, anunciándonos que a cea estaba servida.

Cando entramos no comedor, Margarida estaba apoiada contra a parede, e Gastón, que a tiña collida das mans, estáballe a falar moi baixo.

—Está vostede tolo –respondeulle Margarida–; sabe moi ben que non me interesa. Non é ao cabo de dous anos de coñecer a unha muller coma min cando se lle pide ser o seu amante. Nosoutras entregámonos axiña ou nunca. Veña, señores, á mesa.

E, soltándose das mans de Gastón, Margarida fixo que este sentase á súa dereita, a min á súa esquerda, e despois díxolle a Nanine:

—Antes de sentar, avisa na cociña que non abran se é que chaman.

Esta orde foi feita á unha da mañá.

Rimos, bebemos e comemos moito naquela cea. De alí a pouco, a ledicia chegara ao límite, e esas palabras, que moita xente atopa agradables e que manchan sempre a boca de quen as pronuncia, agromaban, ás veces, entre grandes exclamacións de Nanine, de Prudencia e de Margarida; Gastón divertíase verdadeiramente; era un rapaz dun gran corazón, aínda que o seu talento fose polo mal camiño nos hábitos primeiros. Por un momento quixen aloularme, deixar que o meu corazón e o meu pensamento permanecesen indiferentes ao espectáculo que tiña diante dos meus ollos e tomar parte daquela ledicia que parecía ser un dos exquisitos manxares da cea; pero pouco a pouco funme illando daquel barullo, o meu vaso seguía cheo, e case me puxen triste vendo aquela fermosa muller de vinte anos beber, falar coma un papagaio e rir do xeito máis algareiro.

No entanto, aquela ledicia, aquel modo de falar e de beber, que nos outros convidados me parecían resultado da libertinaxe, da forza ou do costume, semellábanseme en Margarida coma unha necesidade de esquecer, unha febre, unha irritabilidade nerviosa. A cada copa de champaña, as súas meixelas tinguíanse dun vermello febril, e unha tose, lixeira ao comezo da cea, fora facéndose co tempo bastante forte para obrigala a botar a cabeza contra o respaldo da cadeira e apertar o peito coas mans cada vez que tusía.

Sufría ao ver o mal que debía de producir nese corpo tan delicado aqueles excesos diarios.

Á fin aconteceu unha cousa que previra e me temía.

Cara ao remate da cea, a Margarida deulle un acceso de tose máis forte de cantos tivera dende que estaba alí. Dábame a sensación de que o seu peito se acoraba interiormente. A pobre rapaza púxose morada, pechou os ollos pola dor e levou aos beizos o pano de mesa, que se tinguiu dunha pinga de sangue; entón ergueuse e correu ao seu cuarto.

—Que ten Margarida? –preguntou Gastón.

—Ten que riu de máis e esgarra sangue –dixo Prudencia–. Oh, non será nada, pásalle todos os días! Volverá axiña. Deixémola soa; prefíreo.

Pero non me puiden conter, e ante a admiración de Prudencia e de Nanine, que me chamaban para que volvera, fun xunto de Margarida.

X

O cuarto onde se gorecera só estaba iluminado por unha vela posta enriba da mesa.

Estaba deitada nun gran canapé co vestido desabotoado, tiña unha man sobre o corazón e deixaba pendurar a outra. Enriba da mesa había unha cuspideira de prata chea ata metade de auga; a auga estaba sucada por uns fiíños de sangue.

Margarida, moi pálida, coa boca entreaberta, trataba de recuperar os folgos. Por momentos o seu peito inchábase nun fondo suspiro que, unha vez exhalado, parecía aliviala un pouco, e deixáballe durante uns poucos segundos unha aparente sensación de benestar.

Achegueime, sen que fixese nin un movemento, sentei e collinlle man que repousaba sobre o canapé.

—Ah, é vostede? –díxome cun sorriso.

Debía ter o rostro fóra de si, pois engadiu:

—Tamén se sente mal?

—Non, vin por vostede. Aínda non lle pasou?

—Non moito –e enxugou co pano as bágoas que a tose lle fixera vir aos ollos–; mais xa estou acostumada.

—Estase matando, señora –dixen entón con voz emocionada–; gustaríame ser o seu amigo, alguén da súa familia, para empecer que se faga dano deste xeito.

—Ah! Por iso non paga a pena que se alarme –contestou cun ton un pouco triste–. Xa ve como os outros non se ocupan de min; saben moi ben que non hai nada que facer con esta enfermidade.

Despois de dicir isto, ergueuse e, collendo a vela, púxoa encol da cheminea e mirouse no espello.

—Que pálida estou! –dixo, abotoando o vestido e pasando a man polo pelo ensarillado–. Ah!, voltemos á mesa. Vén?

Pero eu estaba sentado e non me movía.

Comprendeu a emoción que me causara aquela escena, pois achegouse a min e, tendéndome a man, díxome:

—Veña, vamos.

Collín a súa man, e leveina aos beizos, mollándoa, sen querer, con dúas bágoas moito tempo contidas.

—Meu Deus, que neno é vostede! –dixo, volvendo sentar ao meu carón–. Pois non está chorando! Que ten?

—Debo semellarlle un babeco, mais o que acabo de presenciar fíxome moito mal.

—É vostede moi bo! Pero, que quere faga? Non podo durmir, e necesito distraerme un pouco. E, ademais, mulleres coma min, unha máis ou menos, tanto ten, que importa? Os médicos dinme que o sangue que boto provén dos bronquios; fago como que os creo; é todo o que podo facer por eles.

—Escoite, Margarida –dixen entón cunha franqueza que non puiden conter–, non sei a influencia que chegará a ter na miña vida, mais o que sei é que neste momento non hai unha soa persoa, nin sequera a miña irmá, que me interese tanto como vostede. E isto é así dende que a vin. Pois ben, en nome de Deus, cóidese e non siga vivindo como fixo ata agora.

—Se me coidase, morrería. O que me sostén é esta vida febril que levo. Ademais, coidarse é bo para as mulleres da boa sociedade que teñen unha familia e amigos; mais a nosoutras, en canto deixamos de servir á vaidade ou ao pracer dos nosos amantes, abandónannos, e aos longos días suceden as longas noites. Seino moi ben; estiven dous meses na cama, e ao cabo de tres semanas ninguén viña verme.

—É verdade que eu non son ninguén para vostede –contestei–; mais, se quixese, coidaríaa coma un irmán, non a deixaría e curaríaa. E cando tivese forzas podería volver levar a vida que agora leva, se lle parécese ben; mais estou seguro que preferiría unha vida tranquila, que a faría máis ditosa e a conservaría máis fermosa.

—Pensa deste xeito esta noite porque está triste polo viño; mais non tería a paciencia da que se gaba.

—Permítame que lle diga, Margarida, que estivo enferma dous meses, e que durante eses dous meses vin todos os días a saber de vostede.

—É verdade. Mais, por que non subía?

—Porque non a coñecía daquela.

—Mais, é que hai que andar con tantas consideracións cunha muller coma min?

—Sempre se deben ter cunha muller, polo menos esa é a miña opinión.

—De maneira que me coidaría?

—Si.

—Ficaría todos os días ao meu carón?

—Si.

—Mesmo todas as noites?

—Todo o tempo que non a aburrise.

—Como lle chama a iso?

—Abnegación.

—E de que vén esa abnegación?

—Dunha simpatía irresistible que sinto por vostede.

—De xeito que está namorado de min? Dígao decontado, é moito máis sinxelo.

—É posible, mais se llo hei dicir algunha vez, non é hoxe o día.

—Faría mellor en non mo dicir xamais.

—Por que?

—Porque desa confesión non poden resultar máis que dúas cousas.

—Cales?

—Ou que non o acepte, entón odiaríame, ou que o acepte, e entón tería unha querida desprezable; unha muller nerviosa, doente, triste ou alegre, mais cunha ledicia máis triste que a mesma tristura; unha muller que cospe sangue e que gasta cen mil francos ao ano, está ben para o vello ricachón coma o duque, mais é ben cansado para un mozo coma vostede, e a proba é que todos os amantes novos que tiven deixáronme axiña.

Non respondía nada; escoitaba. Aquela franqueza, case unha confesión; aquela vida dolorosa que enxergaba baixo o veo dourado que a cubría, e de cuxa realidade fuxía a pobre muller gorecéndose na libertinaxe, a embriaguez e o insomnio; todo aquilo impresionoume de tal xeito que non atopei nin unha soa palabra que lle dicir.

—Veña –continuou Margarida–, estamos dicindo nenerías. Déame a man e volvamos ao comedor. Non cómpre que saiban a que obedece a nosa ausencia.

—Volva vostede se o desexa, mais se mo permite eu quedo aquí.

—Por que?

—Porque a súa alegría faime moito dano.

—Pois ben, estarei triste.

—Margarida, déixeme que lle diga unha cousa que sen dúbida lle dixeron moitas veces, e que de tanto oíla quizais non lle dea creto, mais que non por iso é menos certa, e que non lle repetirei xamais.

—E é...? –preguntou con ese sorriso propio das nais novas cando van escoitar unha tolemia do seu fillo.

—Pois é que dende que a vin, non sei como nin por que, ocupou vostede un lugar na miña vida, e aínda que intentei botar a súa imaxe do meu pensamento, torna decote; que hoxe, cando a volvín atopar, despois de dous anos sen vela, tomou sobre o meu corazón e a miña vida unha influencia aínda maior; e, en fin, que agora que me recibiu, que a coñezo, que sei todo o que hai de estraño en vostede, fíxose indispensable, e volvereime tolo non soamente se non me amase, mais se non se deixase amar por min.

—Pero, que desgraciado é vostede! Direille o que dicía a señora D...: «É entón vostede moi rico!» Pero non sabe que gasto seis ou sete mil francos ao mes, e que ese gasto é algo necesario na miña vida; e tampouco sabe, meu pobre amigo, que o arruinaría en pouco tempo e que a súa familia chegaría a pecharlle as súas portas por vivir cunha muller coma min. Quéirame moito; como un bo amigo, mais non doutro xeito. Veña verme, riremos, charlaremos, mais non esaxere o meu valor, pois vallo ben pouca cousa. Vostede ten bo corazón, necesita ser amado, mais é moi novo e moi sensible para vivir no noso ambiente. Procure unha muller casada. Xa ve vostede que son unha boa rapaza e que lle falo sinceramente.

—Ah, que diaños están facendo aquí? –berrou Prudencia, a quen non oiramos chegar e que apareceu no limiar da porta do cuarto cos cabelos en desorde e o vestido desabotoado. Recoñecín naquela desorde a man de Gastón.

—Estamos falando de cousas serias –dixo Margarida–; déixenos un anaco, logo iremos reunirnos con vostedes.

—Ben, ben, sigan parolando, meus fillos –dixo Prudencia, índose e pechando a porta como para reforzar o ton das últimas palabras pronunciadas.

—Así pois –proseguiu Margarida cando ficamos sós–, estamos de acordo en que me deixará de querer.

—Marcharei lonxe.

—É ata ese punto?

Adiantara moito para botarme atrás e, ademais, aquela muller trastornábame. Aquela mestura de ledicia, tristeza, candor, prostitución, mesmo aquela enfermidade, que no seu caso desenvolvía a sensibilidade ante impresións como a irritabilidade dos nervios, todo me indicaba que se dende o comezo non adquiría dominio sobre aquela natureza esquecediza e ceibe, perderíaa.

—Veña, é de veras o que me di?

—Moi en serio.

—Mais por que non mo dixo antes?

—Cando llo podería dicir?

—Pois ao día seguinte daquel en que me foi presentado na Ópera-Cómica.

—Paréceme que me recibiría moi mal se viñese vela.

—Por que?

—Porque estiven moi estúpido a véspera.

—Iso é verdade. Mais, no entanto, amábame xa nesa época.

—Si.

—O que non lle empeceu irse deitar despois do espectáculo e durmir tan tranquilamente. Nosoutras non sabemos o que son eses grandes amores coma o seu.

—Si, só que neste caso trabúcase. Sabe o que fixen a noite da Ópera-Cómica?

—Non.

—Agardeina á porta do café Anglais. Seguín o coche que trouxo a vostede e os seus tres amigos e, cando a vin baixar e entrar soa na súa casa, sentinme moi feliz.

Margarida botou a rir.

—De que ri?

—De nada.

—Dígamo, prégollo, ou vou crer que aínda se está mofando de min.

—Non se encabuxará?

—Con que dereito podería facelo?

—Pois ben, tiña unha boa razón para entrar soa.

—Cal?

—Estábanme agardando aquí.

Se me cravase unha coitelada, non me tería feito tanto dano. Erguinme e tendéndolle a man:

—Adeus –díxenlle.

—Xa sabía que se anoxaría –dixo–. Os homes teñen a cisma de querer saber o que despois lles produce coita.

—Pero asegúrolle –engadín nun ton frío, coma se lle quixese demostrar que estaba curado para sempre da miña paixón–, asegúrolle que non estou anoxado. É moi natural que a agardase alguén, como tamén é moi natural que eu me vaia ás tres da mañá.

—Tamén o está agardando alguén na súa casa?

—Non, mais teño que irme.

—Adeus, entón.

—Bótame vostede?

—Nada diso.

—Por que me fai sufrir deste xeito?

—Que eu o fago sufrir?

—Dime que alguén a estaba agardando.

—Non puiden deixar de rir ante a idea de que se sentise tan feliz de verme entrar soa, cando había unha boa razón para iso.

—Ás veces alédase un de babecadas, e non está ben destruír esa ledicia, cando, deixándoa subsistir, se pode facer máis feliz ao que a atopa.

—Pero con quen cre que está tratando? Eu non son nin unha virxe nin unha duquesa. Non o coñezo máis que de hoxe e non teño que darlle conta dos meus actos. E aínda admitindo que un día chegase a ser a súa querida, cómpre que saiba que tiven outros amantes antes que vostede. Se xa agora comeza facéndome escenas de celos, que será entón despois, se ese despois existe algunha vez! Non vin nunca un home como vostede!

—É que ninguén a amou endexamais coma min.

—Imos ver, francamente, tanto me quere vostede?

—Creo que todo o que é posible querer.

—E iso é dende...?

—Dende un día que a vin baixar dunha carruaxe e entrar en Susse, hai tres anos.

—Sabe que iso é moi fermoso? E agora, que teño que facer para corresponder a tan grande amor?

—Quererme un pouco –dixen, mentres os latexos do corazón case me empecían falar; pois, malia os sorrisos medio burlóns con que acompañara toda aquela conversa, parecíame que Margarida comezaba a compartir o meu amor e que me achegaba á hora agardada dende había tanto tempo.

—Ben, e o duque?

—Que duque?

—O meu vello celoso.

—Non saberá nada.

—E se o sabe?

—Perdoaraa.

—Ai, iso si que non. Abandonarame, e, entón, que será de min?

—Xa se está arriscando a ese abandono por outro.

—Como o sabe vostede?

—Polo aviso que deu de non deixar entrar a ninguén esta noite.

—É verdade; mais ese é un amigo serio.

—Que a vostede non lle importa moito, posto que lle prohibe a entrada a tales horas.

—Non é vostede precisamente quen debera reprocharmo, posto que foi para recibilo a vostede e mais o seu amigo.

Pouco a pouco fórame achegando a Margarida, colléraa polo van e sentía o seu corpo flexible pesar lixeiramente entre as miñas mans.

—Se soubese canto a quero! –díxenlle moi baixo.

—De verdade?

—Xúrollo.

—Pois ben, se me promete non facer máis que a miña vontade sen dicir unha palabra, sen facerme unha observación, sen preguntarme, quizais poida chegar a amalo.

—Todo o que queira!

—Mais advírtolle que quero ser ceibe de facer o que me pareza, sen ter que darlle explicacións sobre a miña vida. Hai tempo que procuro un amante mozo, sen vontade, namorado sen desconfianza e amado sen dereitos. Non puiden atopar nunca ningún. Os homes, en vez de estar satisfeitos co que se lles concede durante moito tempo o que apenas esperarían obter unha vez, pídenlle contas á súa querida do pasado, do presente e ata do futuro. Segundo se acostuman a ela, queren dominala, e, canto máis se lles dá, máis esixen. Se agora me decidín coller un novo amante, quero que teña tres calidades pouco frecuentes: que sexa confiado, submiso e discreto.

—Ben, serei todo o que vostede queira.

—Xa o veremos.

—E cando o veremos?

—Máis adiante.

—Por que?

—Porque –dixo Margarida, desprendéndose dos meus brazos e collendo dun gran ramo de camelias vermellas, comprado pola mañá, unha que me colocou no meu ollal–, porque non se poden cumprir os tratados o mesmo día en que se asinan.

Era doadamente comprensible.

—E cando a volverei ver? –dixen, colléndoa entre os meus brazos.

—Cando esta camelia cambie de cor.

—E cando cambiará de cor?

—Mañá, de once a doce da noite. Está contento?

—E vostede pregúntamo?

—Nin unha palabra de todo isto ao seu amigo, nin a Prudencia, nin a ninguén.

—Prométollo.

—Agora bíqueme e volvamos ao comedor.

Ofreceume os seus beizos, peiteou de novo os cabelos, e saímos daquel cuarto, ela cantando, eu medio tolo.

No salón, deténdose, díxome moi baixiño:

—Quizais lle parecera raro que me amosase tan disposta a aceptalo así, tan de súpeto. Sabe a que se debe? Débese –continuou, colléndome unha man e colocándoa no seu corazón, cuxas palpitacións violentas e repetidas sentía–, débese a que, debendo vivir menos tempo cás outras, propúxenme vivir máis de présa.

—Non me volva falar dese xeito, suplícollo.

—Oh, consólese –proseguiu, rindo–. Por pouco que viva, vivirei máis tempo do que vostede me queira.

E entrou cantando no comedor.

—Onde está Nanine? –dixo ao ver a Gastón e a Prudencia sós.

—Foi ao seu cuarto, agardando que se deite –respondeu Prudencia.

—Á pobre estouna matando! Señores, retírense, xa é hora.

Dez minutos despois Gastón e mais eu saímos. Margarida apertoume a man dicíndome adeus e quedou con Prudencia.

—E ben –preguntoume Gastón, cando estivemos fóra–, que di de Margarida?

—Que é un anxo, e estou tolo por ela.

—Imaxinábamo. Díxollo?

—Si.

—E prometeu facerlle caso?

—Non.

—Non é coma Prudencia.

—Ela si que llo prometeu?

—Aínda máis, amigo meu! Aínda que non o pareza, hai que ver o boa que está esa gorda Duvernoy!

XI

Ao chegar a aquela parte do relato, Armando detívose.

—Quere pechar a fiestra? –díxome–. Comezo a ter frío. Mentres, voume deitar.

Fechei a fiestra. Armando, que aínda estaba moi feble, quitou o batín e meteuse na cama, deixando repousar durante uns intres a súa cabeza sobre a almofada, como un home esgotado tras unha longa carreira ou alporizado por penosas lembranzas.

—Talvez falou de máis –díxenlle–. Quere que me vaia e que o deixe durmir? Xa me contará outro día o final desta historia.

—Abúrroo?

—Todo o contrario.

—Entón vou continuar; se me deixa só, non podería durmir.

Cando volvín a casa –proseguiu, sen necesidade de concentrarse, estaban tan presentes aínda todos os detalles no seu pensamento–, non me deitei; púxenme a reflexionar sobre a aventura da xornada. O encontro, a presentación, o compromiso de Margarida comigo, todo fora tan de présa, tan inesperado, que había momentos en que cría ter soñado. No entanto, tampouco era a primeira vez que unha muller como Margarida prometía entregarse a un home ao día seguinte que llo pedira.

Por máis que facía tal reflexión, a primeira impresión que a miña futura querida me produciu fora tan forte, que segue subsistindo aínda. Eu seguía empeñado en non ver nela unha muller coma as demais e, coa vaidade tan común a todos os homes, estaba disposto a crer que ela sentía por min a mesma irresistible atracción que eu sentía por ela.

Non obstante, tiña diante miña exemplos moi contraditorios, e a miúdo oíra dicir que o amor de Margarida pasara a ser clasificado máis ou menos caros segundo a estación.

Por outra banda, como conciliar aquela reputación cos continuos rexeitamentos feitos ao novo conde que vimos na súa casa? Dirá vostede que non lle gustaba e que, como o duque a mantiña esplendidamente, antes de coller outro amante prefería un home que lle gustase. Mais entón, por que non lle interesaba Gastón, sendo como era simpático, enxeñoso e rico, e parecía, pola contra, aceptarme a min, a quen ela atopara tan ridículo a primeira vez que me viu?

É verdade que hai incidentes dun minuto que producen máis efecto que todo un ano de cortexo.

De todos os que estabamos ceando, fun o único que se inquietou ao vela deixar a mesa. Seguina, emocioneime, sen poder agochalo, chorei ao bicarlle a man. Aquela circunstancia, engadida ás miñas visitas cotiás durante os dous meses da súa doenza, puido facer ver en min un home distinto de todos os que coñecera ata entón, e quizais dixo para si que ben podía facer por un amor expresado daquel xeito o que fixera tantas veces, algo que xa non podía ter consecuencias para ela.

Como ve, todas aquelas suposicións eran bastante verosímiles; mais, calquera que fose a razón do seu consentimento, o certo era que ela consentira.

Pois ben, estaba namorado de Margarida, ía ser miña, non podía pedirlle máis. E, no entanto, repítollo, aínda que fose unha muller mantida, ata tal punto fixera eu daquel amor, quizais para poetizalo, un amor sen esperanza, que, canto máis se achegaba o momento en que xa non tería sequera necesidade de esperar, máis dubidas tiña.

Non peguei ollo en toda noite.

Non me recoñecía. Estaba medio tolo. Tan axiña non me atopaba nin de abondo guapo, nin o bastante rico, nin o bastante elegante para posuír unha muller semellante, como me sentía cheo de vaidade e fachendoso ante a idea daquela posesión; despois comezaba a cismar en que non fose para Margarida máis que un capricho duns días, e, presentindo a dor que me causaría unha rápida ruptura, pensaba que quizais faría mellor non indo aquela noite á súa casa e fuxir escribíndolle os meus receos. De aí pasaba a ter esperanzas sen pés nin cabeza, unha confianza ilimitada; construía incribles soños para o futuro; dicíame que aquela muller deberíame a súa curación moral e física, que pasaría toda a miña vida xunta ela e que o seu amor me faría máis feliz cós virxinais amores.

En fin, non lle podería repetir os mil pensamentos que subiron do meu corazón á miña cabeza e que se foron esvaecendo pouco a pouco no sono que me foi gañando co espertar do día.

Cando acordei eran as dúas da tarde. Ía un tempo magnífico. Non lembro nunca que a vida me parecese tan fermosa e tan completa. As lembranzas da véspera volvían á miña mente, sen sombras, sen atrancos e alegremente escoltadas polas esperanzas daquela tarde. Vestinme de présa. Estaba contento e sentíame capaz das mellores accións. De cando en cando o meu corazón latexaba de alegría e de amor dentro do meu peito. Unha doce inquedanza axitábame. Non me preocupaba xa das razóns que me inquietaran antes de durmir. Non vía máis que o resultado, non soñaba máis que coa hora en que volvería ver a Margarida.

Foime imposible ficar na casa. O meu cuarto parecía moi pequeno para conter tanta felicidade; necesitaba a natureza enteira para desafogarme.

Saín.

Pasei pola rúa Antin. O cupé de Margarida agardábaa á porta; dirixinme aos Campos Elisios. Amaba, aínda sen coñecelos, a todos os que atopaba no meu camiño.

Que bos nos fai o amor!

Ao cabo dunha hora de estar paseando dende os cabalos de Marly á rotonda e dende a rotonda aos cabalos de Mary, albisquei o coche de Margarida; non o recoñecín, adiviñeino.

No momento de dar a volta cara aos Campos Elisios, detívose, e un mozo alto afastouse dun grupo onde estaba a conversar e foi falar con ela.

Charlaron un intre; o mozo volveu reunirse cos seus amigos; os cabalos partiron, e eu, que me achegara ao grupo, recoñecín no que falara con Margarida a aquel conde de G..., cuxo retrato vira e a quen Prudencia sinalaba como o home ao que Margarida debía a súa posición.

Era a el a quen pechara a súa porta a véspera; supuxen que fixera deter o coche para darlle unha explicación daquela prohibición, e esperei que ao mesmo tempo atopase calquera outro pretexto para non recibilo a noite seguinte.

Como pasei o resto do día, ignóroo; andei, fumei, charlei, mais ás dez da noite no lembraba nada do que dixen nin con quen me atopei.

Todo o que lembro é que volvín á miña casa, que pasei tres horas amañándome e que ollei centos de veces o meu reloxo e o de parede, que por desgraza ían os dous iguais.

Cando deron as dez e media, dixen para min que xa era hora de saír.

Vivía daquela na rúa de Provence; seguín pola rúa de Mont-Blanc, atravesei o bulevar, collín a rúa Louis-le-Grand, a de Port-Mahon e cheguei á rúa Antin. Ollei cara ás fiestras de Margarida.

Había luz.

Chamei.

Pregunteille ao porteiro se a señorita Gautier estaba na casa.

Respondeume que non volvía nunca antes das once ou as once e cuarto.

Mirei o meu reloxo.

Cría que viñera amodo, e non investira máis que cinco minutos para vir da rúa Provence a casa de Margarida.

Así que estiven paseando por aquela rúa sen tendas e deserta a aquela hora.

Ao cabo de media hora chegou Margarida. Apeouse do seu cupé ollando ao seu redor coma se procurase alguén.

O coche partiu paseniñamente pois as cortes e a cocheira non estaban na casa. No momento en que Margarida ía chamar, achegueime e díxenlle:

—Boas noites!

—Ah!, é vostede? –díxome nun ton que amosaba o pouco gusto que lle causaba atoparme alí.

—Non me permitiu que viñese visitala hoxe?

—Si, é verdade, esquecérao.

Aquelas palabras botaban por terra todas as miñas reflexións da noite, todas as esperanzas do día. No entanto, comezaba a acostumarme a esas maneiras e non me fun, cousa que tería feito evidentemente noutrora.

Entramos.

Nanine abrira a porta antes que chamásemos.

—Volveu Prudencia? –preguntou Margarida.

—Non, señora.

—Vaille dicir que veña en canto chegue. Antes apaga a lámpada do salón e, se vén alguén, dille que non volvín e que xa non volverei.

Tiña o aspecto dunha muller preocupada por algo e quizais amolada por un importuno. Eu non sabía que cara pór nin que dicir, Margarida dirixiuse ao seu cuarto; eu fiquei onde estaba.

—Veña –díxome.

Quitou o sombreiro e o abrigo de veludo e botounos enriba da cama; despois deixouse caer na cadeira de brazos ao carón do lume, que mandaba acender ata comezos do verán, e díxome, mentres enredaba coa cadea do seu reloxo:

—Ben, e que me conta de novo?

—Nada, senón que non debín vir esta noite.

—Por que?

—Porque parece vostede molesta e, sen dúbida, estouna amolando.

—Non me amola en absoluto; soamente que estou enferma, padecín todo o día, non durmín e teño unha xaqueca horrible.

—Quere que me vaia para deixala meter na cama?

—Oh!, pode quedar; se me quero deitar, non teño inconveniente de facelo diante de vostede.

Nese intre chamaron.

—Quen virá a esta hora? –dixo cun movemento de impaciencia.

Un rato despois chamaron de novo.

Polo visto non hai ninguén que abra; vou ter que abrir eu mesma.

En efecto, ergueuse e díxome:

—Agarde aquí.

Atravesou o piso e oín abrir a porta da entrada. Escoitei.

O home a quen lle abrira detívose no comedor. Dende as primeiras palabras recoñecín a voz do novo conde de N...

—Como se atopa esta noite? –dixo.

—Mal –respondeu Margarida nun ton xoto.

—Moléstoa?

—Quizais.

—Como me recibe vostede? Mais que lle fixen, querida Margarida?

—Querido amigo, non me fixo nada. Estou enferma e necesito deitarme, así que fágame o favor de irse. Unha cousa que me amola é non poder volver pola noite á miña casa sen velo aparecer cinco minutos despois.

Que quere? Que sexa a súa querida? Pois ben, xa lle dixen centos de veces que non, que me alporiza e que pode dirixirse a outra parte. Repítollo hoxe por última vez: non me interesa nada; entendido? Adeus. Mire, aí volve Nanine; ela alumaralle. Boas noites.

E sen engadir unha palabra, sen escoitar o que besbellaba o mozo, Margarida volveu ao seu cuarto e pechou violentamente a porta, pola cal entrou Nanine decontado.

—Escóitame –díxolle Margarida– dille sempre a ese aparvado que non estou ou que non quero recibilo.

Xa comezo a estar farta, ao final, de ver esa xente que vén sempre pedirme o mesmo, que me pagan e que se cren cumpridos. Se as que comezan o noso vergonzoso oficio soubesen o que é isto, preferirían antes facerse doncelas. Pero non; a vaidade de ter vestidos, coches, diamantes, arrástranos; cres todo o que oes, pois a prostitución ten a súa fe; e o corazón, o corpo e a beleza vánseche desgastando pouco a pouco; témente coma a unha besta salvaxe; desprézante coma a un paria; estás rodeada de xente que sempre colle máis do que che dá, e un bo día vas rabiar como un can, despois de perder aos demais e perderte a ti mesma.

—Veña, señora, cálmese –dixo Nanine–, está moi alporizada esta noite.

—Este vestido moléstame –proseguiu Margarida, facendo saltar os broches do seu corpiño–, dáme unha bata. E Prudencia?

—Non volveu aínda, mais deixei dito que veña vela en canto volte.

—Outra que tal baila! –continuou Margarida, quitando o vestido e poñendo unha bata branca–. Unha máis que sabe que me atopa cando me necesita e que non me pode facer nunca de balde un favor.

Sabe que agardo esa resposta esta noite, que me cómpre, que estou inqueda, e estou segura de que se foi por aí de troula sen preocuparse de min.

—Ao mellor entretivérona.

—Di que nos traian o ponche.

—Vaille facer mal outra vez –dixo Nanine.

—Mellor. Tráeme tamén froita, paté ou unha á de polo, calquera cousa, mais de présa; teño fame.

É inútil dicirlle a impresión que me causaba aquela escena; adivíñao, non si?

—Ceará comigo –díxome–; mentres, colla un libro; vou un momento ao cuarto de baño.

Acendeu as velas dun candelabro, abriu a porta que estaba ao pé da súa cama e desapareceu.

Entrementres, púxenme a reflexionar sobre a vida daquela muller, e o meu amor aumentou coa piedade.

Estaba paseando a grandes pasos por aquel cuarto, mergullado nos meus pensamentos, cando entrou Prudencia.

—Vaia! Vostede aquí? –díxome–; onde está Margarida?

—No cuarto de baño.

—Esperareina. Unha cousa, non sabe que o atopa encantador?

—Non.

—Non llo dixo?

—Era boa.

—E, como está aquí entón?

—Vin facerlle unha visita.

—A media noite.

—Por que non?

—Farsante!

—Ata me recibiu moi mal.

—Verá como agora o recibe mellor.

—Cre vostede?

—Tráiolle unha boa noticia.

—Máis vale; así que lle falou de min?

—Onte á noite, ou mellor dito, esta noite, cando marchou co seu amigo... A propósito, como está o seu amigo? Gastón R..., creo que se chama así, non é?

—Si –dixen, sen poder deixar de sorrir, ao lembrar a confidencia que Gastón me fixera e ver que Prudencia apenas sabía o seu nome.

—É moi simpático ese mozo; que fai?

—Ten vinte e cinco mil francos de renda.

—Ah!, de verdade? Pois ben, volvendo a vostede, Margarida interrogoume sobre a súa persoa; preguntoume quen era, que facía, quen foran as súas queridas; en fin, todo o que se pode preguntar sobre un home da súa idade. Díxenlle todo o que sei, e engadín que é vostede un mozo encantador, e nada máis.

—Agradézollo; agora dígame que foi o que lle encargou onte.

—Nada; díxoo para que se fose o conde, mais hoxe si que me encargou algo, e a súa contestación é a que traio esta noite.

Naquel intre, saíu Margarida do cuarto, traia coquetamente posto o gorro de noite adornado cun mañuzo de fitas amarelas, chamados tecnicamente borlas.

Estaba engaiolante daquel xeito.

Levaba nos seus pés nus unhas zapatillas de raso, e acababa de arranxar as uñas.

—E ben! –dixo ao ver a Prudencia–. Viu o duque?

—Pois claro!

—E que lle dixo?

—Deume...

—Canto?

—Seis mil.

—Si.

—Parecía anoxado?

—Non.

—Pobre home!

Aquel «pobre home!» foi pronunciado nun ton imposible de describir. Margarida colleu os seis billetes de mil francos.

—Non foi sen tempo –dixo–. Querida Prudencia, necesita cartos?

—Vostede sabe, miña filla, que dentro de dous días estamos a quince: se puidese emprestarme trescentos ou catrocentos francos, faríame un gran favor.

—Envíollos mañá pola mañá; agora é moi tarde para ir cambiar.

—Non se esqueza.

—Estea tranquila. Cea con nosoutros?

—Non; Carlos agárdame na casa.

—Mais segue tan tola por el?

—Emperrada nada máis, querida. Ata mañá. Adeus, Armando.

A señora Duvernoy saíu.

Margarida abriu a cómoda e botou dentro os cheques de banco.

—Permíteme que me deite? –dixo sorrindo e dirixíndose á cama.

—Non soamente llo permito, senón que llo rogo.

Botou sobre os pés da cama a manta de guipur que a cubría e deitouse.

—Agora –dixo– veña sentar ao meu carón e charlemos.

Prudencia tiña razón: a resposta que lle trouxera animáraa.

—Perdóame o mal humor desta noite? –díxome, colléndome a man.

—Estou disposto a perdoarlle moitos máis.

—E quéreme?

—Ata volverme tolo.

—Malia o meu mal carácter?

—Malia todo.

—Xúramo?

—Si –díxenlle moi baixo.

Entón entrou Nanine traendo os pratos, un polo frío, unha botella de bordeos, amorodos e dous garfos.

—Non lle dixen que lle fagan o ponche –dixo Nanine–, o bordeos é mellor para vostede, non é certo, señor?

—Sen ningunha dúbida –respondín, emocionado aínda polas últimas palabras de Margarida e fitándoa apaixonadamente.

—Ben –dixo–; pon todo enriba da mesa pequena e achégaa á cama; servirémonos nosoutros mesmos. Leva tres noites sen pegar ollo e debe ter ganas de durmir; vai deitarse, non necesito nada.

—Cómpre pechar a porta con dúas voltas de chave?

—Xa o creo! E, sobre todo, di que non deixen entrar a ninguén mañá antes do mediodía.

XII

Ás cinco da mañá, cando o día comezaba a alborexar a través das cortinas, Margarida díxome:

—Perdoa que te bote, mais é preciso. O duque vén todas as mañás; van dicirlle que estou durmindo, cando chegue, e seguramente agardará a que esperte.

Collín entre as miñas mans a cabeza de Margarida, cuxos cabelos despeiteados brillaban ao redor do seu rostro, e deille o último bico dicíndolle:

—Cando te volverei ver?

—Escoita –repuxo–, colle esta chaviña dourada que hai na cheminea, vai abrir esa porta, volve pór a chave aquí e vaite. Durante o día recibirás unha carta e as miñas instrucións, pois xa sabes que tes que obedecer cegamente.

—Si, e se che pedise xa algo?

—Que?

—Que me deixases esta chave.

—Nunca fixen por ninguén o que me pides.

—Pois ben, faino por mi, pois xúroche que tampouco os demais te amaron coma min.

—Está ben, gárdaa; pero advírtoche que só depende de min que esa chave non che sirva de nada.

—Por que?

—Porque hai ferrollos por dentro.

—Pillabana!

—Mandarei que os quiten.

—Entón, ámasme un pouquiño?

—Non sei por que será, pero paréceme que si. Agora, vaite; morro de sono.

Estivemos uns segundos un nos brazos do outro, e marchei.

As rúas estaban desertas, a gran cidade durmía aínda; unha doce brisa corría por aqueles barrios que o barullo dos homes infestarían unhas horas máis tarde.

Pareceume que aquela cidade durmida pertencíame; procurei na miña memoria os nomes daqueles cuxa felicidade envexara ata entón, e non lembraba a ninguén que me parecese tan feliz coma min.

Ser amado por unha muller casta, ser o primeiro en revelarlle ese estraño misterio do amor, certamente, é unha grande felicidade, mais é a cousa máis sinxela do mundo. Apoderarse dun corazón que non está acostumado aos ataques é como entrar nun cidade aberta e sen gornición. A educación, o sentido do deber e a familia son moi bos sentinelas, pero non hai sentinela tan vixiante que non poida ser burlado por unha moza de dezaseis anos, cando a natureza, por medio da voz do home que ela ama, dálle eses primeiros consellos de amor, máis ardentes canto máis puros parecen.

Canto máis cre a moza no ben, máis doadamente se abandona, se non ao amante, si o amor, pois, como non desconfía, está sen forza, e conseguir ser querido dela é un triunfo que calquera home de vinte e cinco anos poderá permitirse cando queira. E é tan certo, que olle como rodean a esas mozas de vixilancia e de murallas. Os conventos non teñen muros altos de abondo, nin as nais pechaduras suficientemente seguras, nin a relixión deberes continuos de abondo para manter a todos eses encantadores paxariños pechados na súa gaiola, na que non se toman nin sequera a molestia de botarlles flores.

Dese xeito, como non van desexar ese mundo que se lles agocha, como non van crelo tentador, como non van escoitar a primeira voz que a través dos barrotes lles conta os segredos e a bendicir a primeira man que levanta unha punta do veo misterioso!

Pero ser amado verdadeiramente por unha cortesá é unha vitoria moito máis difícil. Nelas o corpo gastou a alma, os sentidos queimaron o corazón, a libertinaxe anulou os sentimentos. As palabras que se lles din sábenas dende hai moito tempo, os medios que se empregan coñécenos de sobra, e ata o amor que inspiran vendérono. Aman por oficio e non por atracción. Están mellor gardadas polos seus cálculos que unha virxe pola súa nai e o seu convento. E así inventaron a palabra capricho para eses amores nos que non entra o interese que de vez en cando se permiten como descanso, como escusa ou como consolo, de modo semellante a eses usureiros que, tras explotar a mil individuos, cren redimirse emprestando un día vinte francos a algún pobre home que está morrendo de fame, sen esixirlle xuros nin pedirlle recibo.

E despois, cando Deus permite o amor a unha cortesá, ese amor, que parece nun principio un perdón, case sempre remata converténdose para ela nun castigo. Non hai absolución sen penitencia. Cando unha criatura ten un pasado que reprocharse, séntese de súpeto presa dun amor profundo, sincero, irresistible, do que nunca se creu capaz; cando confesou ese amor, como a domina o home ao que así ama! Que forte se sente el tendo o cruel dereito de dicirlle: «Xa non podes facer por amor nada que non fixeses por diñeiro»!

Entón non saben que probas dar. Conta a fábula que un neno, despois de terse divertido durante moito tempo nun campo berrando: «socorro!» para amolar aos traballadores, un bo día foi devorado por un oso, sen que estes, aos que enganara tanta veces, non creran aquela vez nos berros verdadeiros que botaba. O mesmo ocorre con esas desgraciadas mulleres cando aman seriamente.

Mentiron tantas veces, que ninguén quere crelas, e no medio dos seus remorsos vense devoradas polo seu propio amor.

De aí, esas grandes abnegacións, eses austeros retiros dos que algunhas deron exemplo.

Mais, cando o home que inspira ese amor redentor ten a alma xenerosa de abondo para aceptala sen lembrar o seu pasado, cando se abandona a el, cando ama, en fin, como é amado; ese home esgota de súpeto todas as emocións terreais, e despois dese amor o seu corazón pecharase a calquera outro.

Estas reflexións non se me ocorreron a mañá que volvía á miña casa. Entón non poderían ser máis que o presentimento do que ía sucederme e, malia o meu amor por Margarida, non enxergaba semellantes consecuencias; ocórrenseme hoxe. Agora que todo rematou definitivamente, nacen de xeito natural do que tivo lugar.

Pero volvamos ao primeiro día daquela relación. Cando entrei na casa estaba tolo de alegría. Ao pensar que as barreiras que a imaxinación colocara entre Margarida e mais eu desapareceran, que a posuía, que ocupaba un lugar no seu pensamento, que tiña no meu peto a chave do seu piso e o dereito de servirme dela, estaba contento da vida, orgulloso de min mesmo e amaba a Deus por permitir todo aquilo.

Un día un mozo pasa pola rúa, crúzase cunha muller, óllaa, vólvese e segue para adiante. Aquela muller, que non coñece, ten os seus goces, mágoas, amores, nos que el non ten nada que ver. Tampouco el existe para ela, e ata é posible que, se lle dixese algo, burlaríase del, como Margarida fixera comigo. Pasan as semanas, os meses, os anos e, de socato, cando seguiron cadanseu destino nunha orde diferente, a lóxica do azar volve polos a un fronte ao outro. Aquela muller convértese en querida daquel home e ámao. Como? Por que? As súas dúas existencias xa non forman máis que unha; apenas existe intimidade e parécelles ter estado sempre xuntos, e todo o que precedeu bórrase da memoria dos dous amantes. É curioso, hai que recoñecelo.

En canto a min, non lembraba como vivira ata a véspera. Todo o meu ser acendíase de alegría ao lembrar as palabras intercambiadas durante aquela primeira noite. Ou Margarida era moi hábil para enganar, ou sentía por min unha desas paixóns súbitas que se revelan dende o primeiro bico, e que ás veces morren tamén como naceron.

Canto máis pensaba niso, máis me dicía que Margarida non tiña ningunha razón para finxir un amor que non sentise, e dicíame tamén que as mulleres teñen dous xeitos de amar, que poden proceder un do outro: aman co corazón ou cos sentidos. Moitas veces unha muller colle un amante, obedecendo soamente a vontade dos sentidos, e, sen esperalo, descobre o misterio do amor inmaterial e non vive máis que para o seu corazón; outras veces, unha moza, non procurando no matrimonio máis que a unión de dous afectos puros, recibe a súbita revelación do amor físico, esa enérxica conclusión das máis castas impresións da alma.

Adormecín en medio daquelas cavilacións. Fun acordado por unha carta de Margarida, que contiña estas palabras:

«Velaquí as miñas instrucións: esta noite no Vaudeville. Veña durante o terceiro entreacto».

«M. G.»

Gardei a nota no caixón co gallo de ter sempre a realidade á man no caso de que me entraran dúbidas, como me ocorría por momentos.

Como non me dicía nada de que a fose ver durante o día, non me atrevía a presentarme na súa casa, mais tiña tantas ganas de vela antes da noite que fun aos Campos Elisios, onde, como a véspera, a vin pasar e volver.

Ás sete xa estaba eu no Vaudeville.

Endexamais entrara tan cedo nun teatro. Fóronse enchendo todos os palcos, un tras outro. Só quedaba un baleiro: o proscenio de platea.

Ao comezar o terceiro acto oín abrir a porta daquel palco, que fitaba arreo, e apareceu Margarida.

Pasou deseguida cara á parte dianteira do palco, buscoume polo patio de butacas, viume e deume as grazas coa mirada.

Estaba marabillosamente fermosa aquela noite.

Era eu a causa daquela coquetería? Amábame o suficiente para crer que canto máis fermosa me parecese máis feliz sería? Aínda non o sabía; mais, se tal fora a súa intención, conseguírao, pois, cando apareceu, as cabezas volvéronse unhas cara ás outras e, ata o actor que estaba en escena naquel momento ollou á que turbaba daquel xeito os espectadores coa súa soa aparición.

E eu tiña a chave do apartamento daquela muller, e dentro de tres ou catro horas ía ser miña outra vez.

Censúrase aos que se arruínan por actrices e mulleres mantidas; o que me sorprende é que non se fagan por elas vinte veces máis toleadas. Cómpre ter vivido, coma min, nesa clase de vida, para saber como as pequenas vaidades de cada día que lle dan ao seu amante van soldando fortemente no corazón –pois non temos outra palabra– o amor que un sente por ela.

Prudencia ocupou axiña un sitio no palco, e un home, en quen recoñecín o conde G..., sentou ao fondo.

Ao velo, arrepióuseme o corazón.

Sen dúbida Margarida decatouse da impresión que me producira a presenza daquel home no seu palco, pois sorriume de novo e, dándolle as costas ao conde, pareceu seguir con moita atención a peza. No terceiro entreacto deu a volta, díxolle dúas palabras, o conde saíu do palco, e Margarida fíxome un aceno para que fose vela.

—Boas noites –díxome cando entrei tendéndome a man.

—Boas noites –respondín, dirixíndome a Margarida e a Prudencia.

—Sente.

—Non quixera quitarlle o sitio a ninguén. É que o señor conde de G... non vai volver.

—Si, mandeino mercar bombóns para que puidésemos falar un momento. A señora Duvernoy é a nosa confidente.

—Si, fillos –dixo esta–, estean tranquilos que non direi nada.

—Que lle pasa esta noite? –dixo Margarida, erguéndose e vindo ata a sombra do palco para bicarme na fronte.

—Non me sinto moi ben.

—Entón será mellor que se vaia deitar –repuxo con aquel aire irónico que tan ben lle ía ao seu rostro delicado e ocorrente.

—Onde?

—Á súa casa.

—Ben sabe que alí non podería durmir.

—Entón non veña aquí a pór mala cara porque viu un home no meu palco.

—Non é por iso.

—Si que o é, sei moi ben o que me digo; e non ten razón para iso, así que non falemos máis disto.

Vaia despois do espectáculo a casa de Prudencia, e agarde alí ata que o chame. Entendido?

—Si. Seica podía desobedecer?

—Segue queréndome coma sempre? –proseguiu.

—E vostede pregúntamo!

—Pensou en min?

—Todo o día.

—Sabe unha cousa? Decididamente, temo que me vou namorar de vostede? Pregúntello se non a Prudencia.

—Ah! –respondeu a grosa muller–, isto é incrible...

—Agora volva á súa butaca; o conde vai chegar dun momento a outro, e é mellor que non o atope aquí.

—Por que?

—Porque non lle agrada velo.

—Non, só que, se me dixese que desexaba vir esta noite ao Vaudeville, eu podería conseguirlle este palco tan ben coma el.

—Por desgraza, levoumo sen que llo pedise e ofreceuse para acompañarme. Sabe moi ben que non podía negarme. Todo o que podía facer era escribirlle onde ía, para que me vise e para ter eu o pracer de volvelo ver antes; mais, xa que é así como mo agradece, aprendo a lección.

—Equivoqueime, perdóeme.

—A boa hora; agora, sexa bo e volva ao seu sitio e, sobre todo, non se faga máis o celoso.

Bicoume outra vez e saín.

No corredor atopei o conde, que xa volvía.

Regresei á miña butaca.

Despois de todo, a presenza do señor de G... no palco de Margarida era a cousa máis normal. Fora o seu amante, reserváballe un palco, acompañábaa ao espectáculo: todo isto dun xeito natural, e dende o momento en que eu tiña por querida unha muller como Margarida, non me quedaba máis remedio que aceptar os seus costumes.

Non por iso deixei de sentirme menos desgraciado o resto do serán, e ao marchar atopábame moi triste, despois de ter visto a Prudencia, o conde e Margarida subir á carruaxe que os agardaba á porta.

Así e todo, un cuarto de hora despois xa estaba na casa de Prudencia. Ela acababa de chegar.

XIII

—Chegou vostede case tan axiña coma nós –díxome Prudencia.

—Si –respondín maquinalmente–. Onde está Margarida?

—Na súa casa.

—Soa?

—Co señor de G...

Paseaba a grandes pasos polo salón.

—Pero, que ten vostede?

—Cre que me parece divertido agardar aquí a que o señor de G... saia da casa de Margarida?

—Tampouco vostede é moi razoable que digamos. Comprenda que Margarida non pode botar o conde á rúa. O señor de G... leva moito tempo con ela, sempre lle deu moito diñeiro, aínda llo dá.

Margarida gasta máis de cen mil francos ao ano; ten moitas débedas. O duque envíalle o que lle pide, mais non sempre se atreve a pedirlle todo o que necesita. Non pode estar a mal co conde, que lle dá uns dez mil francos ao ano polo menos. Margarida tenlle a vostede moito agarimo, querido amigo, mais, polo interese de ambos, a súa relación con ela non debe chegar a nada serio. Cos seus sete ou oito mil francos de renda non podería manter o luxo dunha muller así; non serían abondo nin para manter os gastos do seu coche. Acepte a Margarida como é: unha boa muller, enxeñosa e bonita; sexa o seu amante un mes, dous meses; mérquelle flores, bombóns e palcos; mais non se meta outra cousa na cabeza e non lle faga escenas ridículas de celos. Sabe moi ben con quen está tratando; Margarida non é precisamente unha virtuosa. Vostede gústalle, apréciaa, non se inquiete polo demais. Encántame véndoo facerse o susceptible! Ten a querida máis apetecible de París, recíbeo nun piso magnífico, está cuberta de xoias, non lle custará nin un céntimo se quere, e aínda non está contento! Que diaños, pide vostede demasiado!

—Ten razón, mais é máis forte ca min; a idea de que ese home sexa o seu amante faime un mal horrible.

—En primeiro lugar –repuxo Prudencia–, é aínda o seu amante? É un home ao que necesita, iso é todo. Leva dous días pechándolle a porta; mais veu esta mañá, e ela non tivo máis remedio que aceptar o seu palco e deixar que a acompañase. Tráea ata aquí, sobe un intre, mais non queda, posto que vostede agarda aquí. Paréceme que todo isto é moi natural. Ademais, o duque, acéptao, non si?

—Si, pero é un vello e estou seguro de que Margarida non é a súa querida. Ademais moitas veces un pode chegar a aceptar unha relación e non consentir dúas. Esa facilidade parécese moito a un cálculo, e o home que a consente, mesmo por amor, achégase aos que, nunha escala máis baixa, fan dese consentimento un oficio, e dese oficio cartos.

—Pero, home, que atrasado está vostede ! Cantos vin eu, e dos máis nobres, máis elegantes e máis ricos, facer o que lle aconsello, e iso sen esforzos, sen vergonza, sen remordementos! Mais se isto é algo que se ve todos os días! Entón que quere que fagan as mulleres mantidas de París para manter o tren de vida que levan, se non tivesen tres ou catro amantes á vez? Non hai fortuna, por considerable que sexa, que poida termar por si soa os gastos dunha muller como Margarida. Unha fortuna de cincocentos mil francos de renda é unha boa fortuna en Francia; pois ben, querido amigo, cincocentos mil francos de renda non chegarían para cubrir os gastos, e vexa por que: un home con tales ingresos ten tamén unha casa con luxo, cabalos, criados, coches, cazarías, amigos; xeralmente está casado, ten fillos, participa en carreiras, xoga, viaxa, que sei eu! Todos eses costumes cóllense de tal xeito que non se pode prescindir deles sen pasar por estar arruinado e sen montar un escándalo. Pensándoo ben, con cincocentos mil francos anuais non se lle poden dar a unha muller máis que corenta ou cincuenta mil francos ao ano, e aínda iso é moito. Pois ben, outros amores terán que completar os gastos anuais desa muller. No caso de Margarida resulta aínda máis cómodo; como por un milagre do ceo caeulle un ancián rico con dez millóns, e por riba a súa muller e a súa filla morreron, e non ten máis que dous sobriños tamén ricos de seu; dálle o que quere sen pedirlle nada a cambio, mais ela non lle pode pedir máis de setenta mil francos ao ano, e estou segura de que, se lle pedise máis, malia a súa fortuna e o agarimo que sente por ela, negaríallo. Todos eses mozos que teñen vinte ou trinta mil libras de renda en París, é dicir, que apenas lles chega para vivir na sociedade que frecuentan; saben moi ben, cando son os amantes dunha muller como Margarida, que co lle dan nin sequera podería pagar o piso nin os seus criados. Non lle din que o saben, fan como se non visen nada, e cando se fartan, vanse. Se teñen a vaidade de encargarse de todos os gastos, arruínanse coma parvos e van buscar a morte a África, despois de ter deixado cen mil francos de débedas en París.

Cre vostede que esa muller llo agradece? En absoluto. Todo o contrario, dirá que sacrificou a súa posición e que, mentres andaba con eles, estaba perdendo cartos. Ah!, parécenlle vergonzosos estes detalles, non é certo? Pois son verdadeiros. É un mozo encantador, ao que quero de todo corazón; mais levo vinte anos vivindo entre esta clase de mulleres, sei o que son e o que valen, e non quixese velo tomar en serio o capricho que unha muller bonita tivo por vostede. Á parte disto –continuou Prudencia–, admitamos que Margarida o quere de abondo para renunciar ao conde e ao duque; no caso de que este se decatase da súa relación e lle dixera que elixise entre vostede e el, o sacrificio que ela faría por vostede sería enorme, isto é indiscutible. E podería facer vostede por ela un sacrificio igual? Cando estivese farto, cando xa non quixese nada dela, que faría para compensala de todo o que lle fixo perder? Nada. Teríaa illada do mundo no que se achaban a súa fortuna e o seu porvir, ela teríalle dado os seus mellores anos e sería esquecida. Ou comportaríase vostede como un home ordinario, e entón, botándolle en cara o seu pasado, diríalle que ao deixala non facía máis que obrar coma os seus outros amantes, e abandonaríaa a unha miseria segura; ou sería un home honrado e, créndose obrigado a seguir ao seu carón, entregaríase vostede mesmo a unha desgraza inevitable, pois unha relación así, escusable nun home novo, xa non o é nun home maduro. Convértese nun estorbo para todo, non permite ter familia nin ambición, son eses segundos e últimos amores do home. Así pois, amigo meu, créame, tome as cousas polo que valen e as mulleres como son, e non lle conceda a unha muller pública o dereito de chamarse a súa acredora, de calquera xeito que sexa.

Non estaba mal razoado, e tiña unha lóxica da que non crería capaz a Prudencia. Non atopaba nada que responderlle, senón que tiña razón; deille a man e agradecinlle os seus consellos.

—Veña, veña –díxome–, desbote esas malas teorías e ría; a vida é marabillosa, amigo meu, todo depende do cristal con que a mire. Mire, fale co seu amigo Gastón; velaí un que me dá a impresión que entende o amor como o entendo eu. Do que é preciso que se convenza, e sen o cal converterase nun mozo insípido, é que aquí ao carón hai unha fermosa muller que agarda con desacougo que o home que está na súa casa se vaia, que pensa en vostede, que lle reserva a noite e que o quere, estou segura. Agora veña comigo a asomarse á fiestra, e veremos saír o conde, que non tardará en deixarnos o sitio baleiro.

Prudencia abriu unha fiestra e debruzámonos sobre a varanda do balcón un a carón do outro.

Ela ollaba o reducido número de transeúntes, eu soñaba.

Todo o que me dixera zumbábame na cabeza, e non podía deixar de recoñecer en que tiña razón; mais o amor verdadeiro que sentía por Margarida tiña dificultade para acomodarse a aquel razoamento. E así, de cando en vez ceibaba uns suspiros que facían que Prudencia dese a volta e se encóllese de ombros, coma un médico que ten poucas esperanzas de salvar un doente.

«Que axiña se decata un do curta que debe ser a vida –dicía para min mesmo–, a xulgar pola rapidez das sensacións! Non coñezo a Margarida máis que dende hai dous días, é a miña querida dende onte, e xa ocupa de tal xeito o meu pensamento, o meu corazón e a miña vida, que a visita dese conde de G... é un pesadelo para min».

Por fin saíu o conde, subiu ao seu coche e desapareceu. Prudencia pechou a ventá.

Naquel mesmo intre chamounos Margarida.

—Veñan axiña, están poñendo a mesa –dicía–, imos cear.

Cando entrei na súa casa, Margarida correu cara a min, botóuseme ao pescozo e bicoume con todas as súas forzas.

—Que, aínda seguimos de mal humor? –díxome.

—Non, acabouse –respondeu Prudencia–, estívenlle botando un sermón, e prometeu ser bo.

—Noraboa!

A pesar de todo, non puiden evitar botar unha ollada á cama: non estaba desfeita; en canto a Margarida, xa estaba cunha bata branca.

Sentamos á mesa.

Encanto, dozura, alegría, Margarida tíñao todo, e de cando en vez víame obrigado a recoñecer que non tiña dereito a pedirlle nada máis; que moitos homes sentiríanse felices no meu lugar, e que, como o pastor de Virxilio, non tiña máis que gozar dos praceres que un Deus ou, mais ben, unha deusa me concedía.

Intentei pór en práctica as teorías de Prudencia e amosarme tan alegre coma as miñas dúas compañeiras; mais o que nelas era natural, en min resultaba forzado, e o meu riso nervioso, aínda que as enganase, estaba moi preto das lágrimas.

Por fin rematou a cea e quedei a soas con Margarida. Foi, coma de costume, sentar enriba da alfombra, diante do lume e púxose a mirar cun aire triste a chama do braseiro.

Pensaba! En que? Ignóroo, eu ollábaa con amor e case con terror ao pensar o que estaba disposto a sufrir por ela.

—Sabes no que estaba pensando?

—Non.

—Nun proxecto que se me ocorreu.

—E cal é?

—Aínda non cho podo dicir, mais podo dicirche o que resultará del. Resultará que dentro dun mes serei ceibe, non deberei nada a ninguén e iremos pasar xuntos o verán no campo.

—E non pode dicirme de que medios se valerá?

—Non, cómpre soamente que me queiras como eu te quero, e todo sairá ben.

—E atopou vostede soa ese proxecto?

—Si.

—E levarao a cabo soa?

—Eu só terei a parte desagradable –díxome Margarida, cun sorriso que non esquecerei xamais–, mais os dous compartiremos os beneficios.

Non puiden impedir pórme vermello ao oír a palabra beneficios, lembrábame de Manon Lescaut gastando con Des Grieux os cartos do señor de B...

Respondín nun ton un pouco xoto, asemade que me erguía:

—Permítame, querida Margarida, que non comparta máis beneficios que os que produzan as empresas que conciba e que explote eu mesmo.

—Que significa iso?

—Significa que moito sospeito, Margarida, de que o señor conde de G... non sexa o seu asociado neste feliz proxecto, do que non acepto as cargas nin os beneficios.

—É un neno. Cría que me amaba, mais estaba equivocado; está ben!

E asemade ergueuse, abriu o piano e púxose a tocar outra vez A invitación ao valse, ata chegar a esa famosa pasaxe en ton maior que a facía deter sempre.

Foi por costume ou por lembrarme o día en que nos coñecemos? O único que sei é que con aquela melodía se reavivaron as lembranzas e, achegándome a ela, collinlle a cabeza entre as miñas mans e biqueina.

—Perdóame? –díxenlle

—Xa o ve –respondeume–, mais déase conta que non estamos máis que no segundo día e xa teño algo que lle perdoar. Cumpre ben mal a súa promesa de obediencia cega.

—Que quere, Margarida, quéroa demasiado e teño celos ata do menor dos seus pensamentos. O que me propuxo hai un pouco, volveríame tolo de ledicia, mais o misterio que precede á execución dese proxecto prémeme o corazón.

—Imos ver, razoemos un pouco –proseguiu, colléndome as dúas mans e fitándome cun sorriso tan encantador, que me era imposible resistir–; vostede quéreme, non si?, e sería feliz se puidese pasar tres ou catro meses no campo a soas comigo; eu tamén sería feliz nesa soidade compartida por dous, e non soamente sería feliz, senón que o necesito para a miña saúde. Non me podo ir de París tanto tempo sen pór en orde os meus asuntos, e os asuntos dunha muller coma min están sempre moi embarullados; pois ben, atopei o medio de compaxinalo todo, os meus asuntos e o meu amor por vostede; si, por vostede, non se ría, deume a loucura de amalo! e mire vostede por onde, vénme con eses fumes e dicindo palabras altisonantes. É un cativo, máis que cativo, lembre unicamente que o amo e non se preocupe por nada. Estamos conformes?

—Con todo o que queira estou conforme, sábeo ben.

—Entón, antes dun mes, estaremos nalgunha aldea, paseando á beira dun río e bebendo leite. Quizais lle pareza estraño que eu, Margarida Gautier, fale deste xeito; débese, amigo meu, a que, cando esta vida de París, que parece que me fai tan feliz, non me queima, senón que me aburre, entón sinto de súpeto aspiracións de gozar dunha existencia máis tranquila que me lembre a miña infancia. Todos tivemos unha infancia, sexamos agora o que sexamos. Oh! estea tranquilo, non lle vou dicir que son filla dun coronel retirado e que fun educada en Saint-Denis. Son unha pobre campesiña, que hai seis anos aínda non sabía escribir o meu nome. Xa está tranquilo, non si? Por que é o primeiro a quen me dirixo para compartir a ledicia do desexo que tiven? Sen dúbida porque comprendín que me quere por min e non por vostede, mentres que os demais nunca me quixeron máis que por si mesmos.

Estiven moitas veces no campo, mais nunca como me gustaría estar. Conto con vostede para esta sinxela felicidade, así que non sexa malo e concédama. Pense o seguinte: «Non chegará a vella, e un día arrepentireime de non ter feito por ela o primeiro que me pediu, co doado que era de facer».

Que responder a semellantes palabras, sobre todo coa lembranza dunha primeira noite de amor e na espera da segunda?

Unha hora despois tiña a Margarida entre os meus brazos, e, se me pedise que cometese un crime, obedeceríaa.

Ás seis da mañá marchei; e antes de marchar díxenlle:

—Ata esta noite?

Bicoume moi forte, mais non me respondeu.

Durante o día recibín unha carta que contiña estas palabras:

«Querido amigo: estou algo indisposta e o doutor ordenoume repouso. Esta noite deitareime cedo e non o verei; mais, para recompensalo, agárdoo mañá ás doce. Quéroo».

A miña primeira palabra foi: Engáname!

Unha suor fría percorreu a miña fronte, pois amaba xa demasiado aquela muller para que a sospeita non me trastornase.

E, no entanto, tratándose de Margarida, debía de agardar un acontecemento así case acotío, cousa que me ocorrera a miúdo con outras queridas, sen que me preocupase moito. De onde viña entón o dominio que exercía sobre a miña vida aquela muller?

Entón pensei que, posto que tiña a chave da súa casa, iría vela coma de costume. Deste xeito sabería axiña a verdade e, se atopaba alí un home, habíalle dar unha losqueada.

Mentres tanto, fun aos Campos Elisios. Estiven alí catro horas. Non apareceu. Pola noite entrei en todos os teatros onde ela acostumaba ir. Non estaba en ningún.

Ás once fun á rúa Antin.

Non se vía luz nas ventás. No entanto, chamei.

O porteiro preguntoume onde ía.

—A casa da señorita Gautier –díxenlle.

—Non volveu aínda.

—Subirei a agardala.

—Non hai ninguén na súa casa.

Evidentemente era unha orde que podía quebrantar, posto que tiña a chave, mais temía armar un escándalo ridículo e marchei.

Non soamente non fun para casa, senón que non podía abandonar a rúa e non perdía de vista a casa de Margarida. Parecíame que tiña aínda algo que comprobar, ou polos menos que as miñas sospeitas se ían confirmar.

Cara ás doce un cupé que coñecía perfectamente detívose preto do número 9.

O conde de G... apeouse del e entrou na casa, despois de despedir o coche.

Por un momento agardei que, coma min, lle dirían que Margarida non estaba na casa, e que volvería velo saír; mais ás catro da mañá seguía agardando aínda.

Sufrín moito nestas tres últimas semanas, mais creo que non foi nada en comparación co que pasei aquela noite.

XIV

Ao chegar a casa, púxenme a chorar coma un neno. Non hai home que non fose enganado polo menos unha vez e que non saiba o que se sofre.

Baixo o peso das resolucións da febre que sempre nos cremos con forza para cumprilas, dixen para min que tiña que romper axiña con aquel amor, e esperei o día seguinte con impaciencia para reservar o billete e volver a carón de meu pai e da miña irmá, dobre amor do que estaba seguro e ese si que non me enganaría.

No entanto, non quería irme sen que Margarida soubese ben por que me ía. Soamente un home que non ama con afouteza á súa amada déixaa sen escribirlle.

Escribín e volvín escribir vinte cartas na miña cabeza.

Estaba claro que estivera tratando cunha muller semellante a todas as outras mulleres mantidas, poetizáraa demasiado, e ela tratárame coma un colexial, empregando para enganarme unha maña dunha simplicidade insultante. Entón o meu amor propio resentiuse. Tiña que deixar aquela muller sen darlle a satisfacción de saber o que aquela ruptura me facía sufrir, e coa miña letra máis elegante e bágoas de rabia e dor nos ollos, velaquí o que lle escribín:

«Miña querida Margarida,

Agardo que a súa indisposición de onte fose pouca cousa. Estiven ás once da noite preguntando pola súa saúde e respondéronme que aínda non volvera. O señor de G... tivo máis sorte ca min, pois presentouse un intre despois de min e ás catro da mañá aínda seguía na súa casa.

Perdóeme as poucas horas aburridas que lle fixen pasar, e pode estar segura de que non esquecerei xamais os momentos felices que lle debo. Desexaría ir saber de vostede hoxe, mais conto con regresar preto de meu pai.

Adeus, miña querida Margarida; non son rico de abondo para amala como eu querería, nin bastante pobre para amala como vostede desexaría. Esquezamos, pois, vostede un nome que lle debe de ser case indiferente, e eu, unha felicidade que me resulta imposible.

Devólvolle a súa chave, que non me serviu nunca e que lle poderá ser útil se se pon a miúdo tan enferma como se puxo onte».

Como ve vostede, non tiven o valor de rematar aquela carta sen engadir unha impertinente ironía, o que demostraba o namorado que estaba aínda.

Lin e relín dez veces a carta, e a idea de que lle daría un desgusto a Margarida calmoume un pouco. Intentaba encoraxarme cos sentimentos expresados por escrito e, cando ás oito chegou o meu criado, entregueille a carta para que lla levase deseguida.

—Hai que agardar contestación? –preguntoume Xosé (pois o meu criado chámase Xosé, coma todos os criados).

—Se lle preguntan se agarda contestación, diga que non sabe nada e espere.

Aferrábame á esperanza de que me respondese.

Que pobres e febles somos!

Todo o tempo que o meu criado estivo fóra, vinme preso dun gran desacougo. Unhas veces, lembrando como Margarida se entregara a min, preguntábame con que dereito lle escribía unha carta tan impertinente, cando podía responderme que non era o señor de G... quen me enganaba, senón eu quen enganaba ao señor de G...; razoamento que permite a moitas mulleres ter varios amantes. Outras veces, lembrando as promesas daquela muller, quería convencerme de que a miña carta era aínda demasiado suave e que non había expresións fortes de abondo para afrontar a unha muller que se ri dun amor tan sincero coma o meu.

Despois dicía para min que sería mellor non lle ter escrito, senón que debería ter ido á súa casa durante o día, e deste xeito gozaría das bágoas que lle faría verter.

En fin, preguntábame que me iría responder, xa disposto a crer a escusa que me dese.

Volveu Xosé.

—E que? –pregunteille.

—Señor –respondeume–, a señora estaba deitada e aínda non espertara, mais en canto se erga, entregaranlle a carta e, se hai contestación, traerana.

Durmía!

Vinte veces estiven a piques de enviar a buscar aquela carta, pero sempre me dicía:

—Quizais lla entregasen xa e parecerá que me arrepentín.

Mentres se achegaba a hora en que probablemente me podería contestar, máis sentía terlle escrito.

Deron as dez, as once, as doce.

Ás doce estiven a piques de ir á cita coma se non pasase nada. En realidade, non sabía que imaxinar para saír do círculo de ferro que me oprimía.

Entón, coa esa superstición propia do que agarda, crin que, se saía un anaco, á miña volta acharía unha resposta. As repostas que se esperan con impaciencia sempre chegan cando un non está na casa.

Saín co gallo de ir xantar.

En vez de xantar no café Foy, na esquina do bulevar, como tiña por costume, preferín ir xantar ao Palais-Royal e pasar pola rúa Antin. Cada vez que enxergaba unha muller, cría ver a Nanine traéndome unha resposta. Pasei pola rúa Antin sen atoparme sequera cun recadeiro. Cheguei ao Palais-Royal, entrei no Véry. O camareiro deume de comer, ou máis ben, serviume o que quixo, pois non comín nada.

Sen querer, estaba decote fitando o reloxo de parede.

Volvín a casa, convencido de que ía atopar unha carta de Margarida.

O porteiro non recibira nada. Agardaba aínda que a tivese o meu criado. Mais este non vira a ninguén dende a miña partida.

Se Margarida me contestase, xa o debería ter feito había tempo.

Entón comecei a lamentar os termos empregados na miña carta; debería calar, e iso sen dúbida obrigaríaa na súa inquedanza a dar o primeiro paso; pois, ao non verme acudir á cita da véspera, preguntaríame as razóns da miña ausencia, e soamente entón debería darllas. Dese xeito, ela non podería facer outra cousa que desculparse, e o que eu quería era que se desculpase. Sentía xa que crería calquera razón que me dese de pretexto, e preferiría calquera cousa antes que non volvela ver máis.

Cheguei a crer que viría ela mesma á miña casa, mais pasaron as horas e non veu ninguén.

Decididamente Margarida non era coma as demais mulleres, pois hai ben poucas que, recibindo unha carta semellante á que lle acababa de escribir, non contesten nada.

Ás cinco corrín aos Campos Elisios.

—Se me atopo con ela –pensaba– aparentarei un aire indiferente, e convencerase de que xa non penso nela.

Ao dar a volta pola rúa Royale, vina pasar no seu coche; o encontro foi tan de súpeto, que palidecín. Ignoro se viu a miña emoción; estaba tan turbado que non vin máis que o seu coche.

Non continuei o meu paseo ata os Campos Elisios. Miraba os carteis dos teatros, pois aínda me quedaba unha oportunidade para vela.

Había unha estrea no Palais-Royal. Margarida debía asistir, evidentemente.

Ás sete xa estaba no teatro.

Enchéronse todos os palcos, mais Margarida non apareceu. Entón saín do Palais-Royal e entrei en todos os teatros que ela frecuentaba: o Vaudeville, o Variétés, e a Ópera-Cómica.

Non estaba por ningures.

Ou a miña carta lle producira unha profunda mágoa para andar preocupándose de espectáculos, ou temía atoparse comigo e quería evitar unha explicación.

Iso era o que a miña vaidade me dicía cando ía paseando polo bulevar, cando topei con Gastón, que me preguntou de onde viña.

—Do Palais-Royal.

—E eu da Ópera-Cómica –díxome–. É máis, crin que o vería alí.

—Por que?

—Porque estaba Margarida.

—Ah, estaba alí?

—Si.

—Soa?

—Non, cunha amiga.

—E ninguén máis?

—O conde de G... foi un momento saudala ao palco; mais ela foise co duque. A cada intre cría que ía velo aparecer a vostede. Había ao meu carón unha butaca que estivo baleira toda a noite, e estaba convencido de que estaba reservada para vostede.

—Pero por que teño que ir onde vaia Margarida?

—Por Deus, pois porque é o seu amante?

—E quen lle dixo iso?

—Prudencia, que a atopei onte. Felicítoo, amigo; é unha querida bonita, que non a ten quen quere. Consérvea, que ela recompensarao.

Aquel simple comentario de Gastón demostrou que ridículas eran as miñas susceptibilidades.

Se o atopase a véspera e me falase así, dende logo non lle escribiría a estúpida carta da mañá.

Estiven a piques de ir a casa de Prudencia e de enviala a dicirlle a Margarida que lle tiña que falar; mais temín que por vingarse me respondese que non podía recibirme, e volvín á miña casa despois de ter pasado pola rúa Antin.

Pregunteille de novo ao meu porteiro se había algunha carta para min.

Nada!

Quererá ver se daba algún outro paso e me retractaba –pensei ao deitarme–, mais, ao ver que non lle escribo, escribirame mañá.

Aquela noite, sobre todo, arrepentinme do que fixera. Estaba só na casa, sen poder durmir, consumido pola inquedanza e polos celos, cando, se deixase que as cousas seguisen o seu verdadeiro camiño, debería estar a carón de Margarida, oíndolle dicir as encantadoras palabras que non lle escoitara máis que dúas veces e que na miña soidade me queimaban os oídos.

O que había de arrepiante na miña situación era que o razoamento non me daba a razón; abofé, todo me dicía que Margarida me amaba. Primeiramente, ese proxecto de pasar un verán no campo a soas comigo; despois a certeza de que nada a obrigaba a ser a miña querida, posto que a miña fortuna era insuficiente para as súas necesidades e incluso para os seus caprichos. Non houbera nela máis que a esperanza de achar en min un afecto sincero, que fose quen de facela repousar dos amores mercenarios en medio dos que vivía; e xa o segundo día destruía aquela esperanza e pagaba cunha ironía impertinente o amor aceptado durante dúas noites. O que estaba facendo, pois, máis que o ridículo, era unha falta de delicadeza. Pagáralle talvez a aquela muller para ter o dereito a censurala, e ao retirarme ao segundo día non parecería máis ben un parasito do amor que ten a teima que o despachen? Como? Había trinta e seis horas que coñecía a Margarida; vinte e catro que era o seu amante, e permitíame facerme o susceptible; e no canto de atoparme feliz de que me reservase unha parte para min, quería telo todo para min só e obrigala a romper de socato as relacións do seu pasado, que eran os ingresos do seu porvir. Que tiña que reprocharlle? Nada.

Escribírame dicindo que estaba doente, cando puido dicirme cruamente, con esa odiosa franqueza dalgunhas mulleres, que tiña que recibir un amante; e en lugar de crer na súa carta, en lugar de ir pasear por todas as rúas de París, agás pola rúa Antin, en vez de pasar o serán cos meus amigos e presentarme ao día seguinte á hora que me indicara, representaba o papel de Otelo, espreitábaa, e cría castigala non a vendo máis. Pola contra, debía estar encantada con tal separación; debía parecerlle un gran parvo, e o seu silencio non era nin sequera rancor, senón desdén.

Deberíalle ter feito a Margarida un agasallo que non lle deixase ningunha dúbida da miña xenerosidade e que me permitise, ao tratala como unha calquera, ter cumprido con ela; mais crería que estaría ofendendo, polo menos aparentemente, se non o amor que ela sentía por min, cando menos o amor que eu sentía por ela, e, posto que este amor era tan puro que non admitía ser compartido, non podía pagar cun agasallo, por fermoso que fose, a felicidade que lle concedera, por curta que fose.

Iso era o que estiven repetindo para min toda noite, e o que a cada intre estaba tentado a irlle dicir a Margarida.

Cando amenceu, aínda non durmía, tiña febre; érame imposible pensar noutra cousa que non fose Margarida.

Como comprenderá vostede, cumpría tomar unha resolución definitiva, e rematar con aquela muller ou cos meus escrúpulos, se é que aínda consentía en recibirme.

Mais xa sabe vostede que sempre atrasamos as resolucións definitivas; así, como non podía ficar na casa nin me atrevía a presentar na de Margarida, intentei atopar un medio para achegarme a ela, un medio que o meu amor propio puidese botarlle a culpa á casualidade no caso de que dese resultado.

Eran as nove; corrín a cas de Prudencia, que me preguntou a que se debía aquela visita matinal.

Non me atrevín a dicirlle francamente o que me levaba alí. Respondinlle que saíra cedo para reservar un billete na dilixencia de C..., onde vivía meu pai.

—Ten vostede moita sorte –díxome– poder marchar de París con este bo tempo.

Mirei a Prudencia e pregunteime se non se estaba mofando de min.

Mais o seu rostro estaba serio.

—Irá despedirse de Margarida? –proseguiu sempre coa mesma seriedade.

—Non.

—Fai ben.

—Cre vostede?

—Naturalmente. Posto que rompeu con ela, para que volvela ver de novo?

—Sabe entón o da nosa ruptura?

—Amosoume a súa carta.

—E que lle dixo?

—Díxome: «Miña querida Prudencia, o seu protexido non ten elegancia; estas cartas pénsanse, mais non se escriben».

—E en que ton llo dixo?

—Rindo e, ademais, engadiu: «ceou dúas veces na miña casa, e nin sequera me fixo unha visita de estómago agradecido».

Velaquí o efecto que a miña carta e os meus celos produciran. Vinme cruelmente humillado na vaidade do meu amor.

—E que fixo onte pola noite?

—Estivo na Ópera.

—Iso seino. E despois?

—Ceou na súa casa.

—Soa?

—Co conde de G..., paréceme.

Así pois, a miña ruptura non mudara en nada os costumes de Margarida.

É por circunstancias parecidas cando a xente acostuma dicirche: «Cómpre que non pense máis nesa muller pois non lle convén».

—Vaia, alégrame saber que Margarida non se apesara por min –repuxen cun sorriso forzado.

—E ten moitísima razón. Vostede fixo o que debía facer; foi máis razoable ca ela, pois esa moza amábao, non facía máis que falar de vostede, e sería capaz de calquera loucura.

—Por que non me contestou xa que tanto me ama?

—Porque comprendeu que cometera un erro ao querelo. As mulleres permiten ás veces que traizoen o seu amor, mais nunca que firan o seu amor propio, e sempre se fere o amor propio dunha muller cando, aos dous días de ser o seu amante, un abandónaa, calquera que sexan as razóns que se dean a esa ruptura. Coñezo a Margarida, e morrería antes de contestarlle.

—Que cómpre que faga entón?

—Nada. Ela esquecerao, vostede esqueceraa, e non terán nada que reprocharse un ao outro.

—E se lle escribise pedíndolle perdón.

—Gárdese ben, pois non lle perdoaría.

Estiven a piques de botarme ao pescozo de Prudencia.

Un cuarto de hora despois volvía á miña casa e escribíalle a Margarida:

«Alguén que se arrepinte dunha carta que escribiu onte, que marchará mañá se vostede non o perdoa, desexaría saber a que hora poderá ir demostrar o seu arrepentimento aos seus pés. Cando poderei atopala soa? Porque, como vostede sabe, as confesións deben de ser feitas sen testemuñas».

Metín nun sobre aquela especie de madrigal en prosa e envieillo por Xosé, que llo entregou á mesma Margarida, quen lle respondeu que contestaría máis tarde.

Non saín máis que un momento para ir cear, e ás once da noite aínda non recibira resposta.

Decidín entón non seguir sufrindo por máis tempo e partir ao día seguinte.

Como consecuencia daquela decisión, convencido de que non había durmir aínda que me deitase, púxenme a facer as maletas.

XV

Levariamos case unha hora que Xosé e mais eu preparabamos todo para a miña partida, cando chamaron violentamente á porta.

—Abro? –preguntoume Xosé.

—Abra –díxenlle, preguntándome quen podería vir á miña casa a semellante hora, sen atreverme a crer que fose Margarida.

—Señor –díxome Xosé cando volveu–, son dúas damas.

—Somos nosoutras, Armando –berrou unha voz que recoñecín ser a de Prudencia

Saín do meu cuarto.

Prudencia, de pé, ollaba algunhas curiosidades que había no meu salón; Margarida, sentada no sofá, reflexionaba.

En canto entrei dirixinme a ela, axeonlleime, collinlle as mans, e moi emocionado díxenlle:

—Perdón!

Ela bicoume na fronte e díxome:

—Xa é a terceira vez que o perdoo.

—Ía marchar mañá.

—A miña visita non ten porque cambiar a súa decisión. Non veño para empecer que abandone París. Veño porque non tiven tempo en todo o día para contestarlle e non quixen que crese que estaba enfadada con vostede, aínda que Prudencia non quería que viñese; dicía que quizais o molestaría.

—Vostede, molestarme vostede, Margarida! E iso por que?

—Raios! Podía ter vostede unha muller na casa –respondeu Prudencia–, e non sería divertido para ela ver chegar a outras dúas.

Mentres Prudencia facía aquela observación, Margarida ollábame atentamente.

—Miña querida Prudencia –respondín–, non sabe o que di.

—É moi bonito o seu piso –replicou Prudencia–; pódese ver o cuarto de durmir?

—Si.

Prudencia entrou ao meu cuarto, non tanto para visitalo como para reparar a parvada que acababa de dicir, e deixounos a soas a Margarida e a min.

—Por que trouxo a Prudencia? –díxenlle entón.

—Porque estabamos xuntas no teatro, e ao saír de aquí, quería ter alguén que me acompáñase.

—E non estou eu aquí?

—Si; mais, á parte de que non o quería molestar, estaba segura de que ao chegar á miña porta habíame pregar que o deixase subir á miña casa, e, como non podía acceder a iso, non quería que marchase co dereito a reprocharme unha negativa.

—E por que non me podía recibir?

—Porque estou moi vixiada, e a menor sospeita poderíame facer moito dano.

—É esa a única razón?

—Se houbese algunha outra, diríalla; xa deixamos de ter segredos o un para o outro.

—Vexamos, Margarida, non quería andar con moitos rodeos para chegar ao que lle quero dicir. Con franqueza, quéreme un pouco?

—Moito.

—Entón, por que me enganou?

—Amigo meu, se eu fose a señora duquesa de tal ou de cal, se tivese duascentas libras de renda, se, sendo a súa querida, tivese outro amante distinto de vostede, tería o dereito a preguntarme por que o enganaba; mais, como son a señorita Margarida Gautier, teño corenta mil francos de débedas, nin un céntimo de fortuna e gasto cen mil francos ao ano, a súa pregunta sobra e miña resposta é inútil.

—Ten razón –dixen, deixando caer a miña cabeza sobre os xeonllos de Margarida–, mais eu quéroa coma un tolo.

—Pois ben, amigo meu, cómpre amarme un pouco menos e comprenderme un pouco máis. A súa carta doeume moito. Se fose ceibe, non recibiría o conde antonte, ou, de facelo, viría antes a pedirlle o perdón que hai un momento vostede me pedía, e non tería outro amante máis que vostede no futuro. Por un momento crin que podería darme esa felicidade durante seis meses; non o quixo; emperrénchase en coñecer os medios, e, ai, meu Deus!, os medios eran ben doados de adiviñar. Era un sacrificio tan grande que vostede non creo que o fixese no seu beneficio. Podería dicirlle: «necesito vinte mil francos», e estando vostede namorado de min, atoparíaos, aínda que corría o risco de botarmo máis tarde en cara. Preferín non deberlle nada, e non entendeu esa delicadeza miña, pois ao fin e ao cabo, tratábase dunha cortesía. Nosoutras, mentres nos queda un pouco de corazón, damos ás palabras e ás cousas unha significación e un desenvolvemento que as demais mulleres non coñecen; repítolle, pois, que tratándose de Margarida Gautier, o medio que atopara para pagar as súas débedas, sen pedirlle os cartos necesarios para iso, era unha atención que debía de aproveitar sen dicir nada. Se non me coñecese ata hoxe, sentiríase moi feliz co que lle prometera, e non me preguntaría o que fixen antonte. Ás veces vémonos obrigados a mercar unha satisfacción para a alma a expensas do noso corpo, e sufrimos moito máis, se despois esa satisfacción nos foxe.

Escoitaba e ollaba a Margarida con admiración. Cando pensaba que aquela marabillosa criatura, cuxos pés desexara bicar noutrora, consentía en darme cabida no seu pensamento, darme un cometido na súa vida, e que aínda non me conformaba co que me daba, chegueime a preguntar se o desexo do home ten límites, cando, satisfeito axiña coma o fora o meu, aspira aínda a outras cousas.

—É verdade –continuou ela–, que as mulleres da miña clase temos desexos caprichosos e amores inconcibibles. Entregámonos o mesmo para unha cousa coma para outra. Hai xente que se arruinaría sen acadar nada de nosoutras, e hai outros que nos conseguen cun ramo de flores. O noso corazón ten caprichos, esa é a súa única distracción e a súa única escusa. Entregueime a ti máis axiña que a ningún home, xúrocho; por que? Porque véndome cuspir sangue collíchesme a man, porque choraches, porque es a única criatura humana que tivo compaixón de min. Vouche dicir unha parvada, mais hai tempo tiven un canciño que me ollaba con aire moi triste cando eu tusía; é o único ser que amei.

Cando morreu, choreino máis cá morte da miña nai. É certo que ela estívome zurrando durante doce anos da súa vida. Pois ben, ameite tan axiña coma ao meu can. Se os homes soubesen o que se pode conseguir cunha bágoa, serían máis amados e nosoutras menos mesquiñas.

A túa carta delatoute, reveloume que non es todo corazón, e fíxome máis dano no amor que eu che tiña ca todos os males que ti me puideses facer. Eran celos, é verdade, mais celos irónicos e impertinentes. Estaba triste cando recibín a carta, contaba con verte ao mediodía, xantar contigo; en fin, borrar coa túa presenza un continuo pensamento que tiña e que antes de coñecerte admitía sen esforzo. Ademais –continuou Margarida–, eras a única persoa diante da que crin comprender que axiña podía pensar e falar libremente. Todos os que rodean a mulleres ceibes coma min teñen interese en pescudar todo canto din e tirar consecuencias das súas máis insignificantes accións. Nosoutras non temos, naturalmente, amigos. Temos amantes egoístas que gastan a súa fortuna, non por nosoutras, como eles din, senón pola súa vaidade. Para esa clase de xente cómpre que nosoutras sexamos alegres cando eles están contentos; gozar de boa saúde cando queren cear, ser escépticas como eles. Estanos prohibido ter corazón se non queremos ser obxecto de burla e perder o noso creto. Xa non nos pertencemos. Xa non somos seres, senón cousas. Somos as primeiras no seu amor propio, mais as últimas na súa estima. Non temos máis amigas cás do tipo de Prudencia, mulleres que foron alegres no seu tempo e que teñen aínda gustos custosos que a súa idade non lles permite satisfacer. Entón fanse amigas nosas ou máis ben as nosas convidadas. A súa amizade pode chegar ata o servilismo, mais nunca ata o desinterese. Nunca nos darán un consello desinteresado. Pouco lles importa que teñamos dez amantes máis, sempre que lles deamos vestidos ou un brazalete, e que de cando en vez poidan pasear no noso coche e ir ver un espectáculo dende o noso palco. Quedan coas nosas flores da véspera e pídennos emprestados os nosos chales de caxemira. Nunca nos prestan un servizo, por pequeno que sexa, sen facérnolo pagar o dobre do que vale. Ti víchelo por ti mesmo a noite en que Prudencia me trouxo os seis mil francos que lle rogara que fose pedir para min ao duque; pediume emprestados cincocentos francos, que nunca me devolverá ou que me pagará en sombreiros que non sairán das súas caixas. Non podemos, pois, ter, ou máis ben, non podía ter máis que unha alegría; era raro, triste como estou ás veces, sufrindo como estou sempre, atopar un home de abondo extraordinario para non pedirme contas da miña vida, e para ser o amante das miñas impresións máis que do meu corpo. Ese home atopeino no duque, mais o duque é vello, e a vellez non protexe nin consola. Crin poder aceptar a vida que me ofrecía, mais, que queres?, morría de aburrimento, e para deixarme consumir dese xeito, prefería matarme.

Entón, atopeite a ti, novo, ardente, feliz, e intentei facer de ti o home a quen chamaba no medio da miña barullenta soidade. O que amaba en ti non era o home que eras, senón o que ías ser. Non aceptas ese papel, rexéitalo como indigno de ti; es un amante vulgar; fai coma os demais: págame e non falemos máis.

Margarida, esgotada por aquela longa confesión, recostouse na espaldeira do sofá, e, para calmar un feble acceso de tose, levou o pano aos beizos e aos ollos.

—Perdón, perdón –murmurei–, xa comprendera todo iso, mais quería oírcho dicir, miña adorada Margarida. Esquezamos todo o demais e non lembremos máis que unha cousa: que estamos feitos o un para o outro, que somos novos e que nos amamos. Margarida, fai de min o que queiras, son o teu escravo, o teu can; mais, por Deus, rompe a carta que che escribín e non me deixes marchar mañá: morrería.

Margarida tirou a carta do corpiño do seu vestido e, ao entregarma, díxome cun sorriso dunha inefable dozura:

—Tómaa, traíacha.

Rompín a carta e biquei con bágoas a man que ma devolvía.

Naquel intre apareceu Prudencia.

—A que non sabe, Prudencia, o que me pide? –dixo Margarida.

—Pediulle perdón?

—Xustamente.

—E vostede perdoouno?

—Dende logo, mais quere aínda outra cousa.

—Que é?

—Quere vir cear con nosoutras.

—E vostede consénteo?

—Vostede que cre?

—Creo que son vostedes dous nenos, que non teñen cabeza nin un nin o outro. Mais creo tamén que teño moita fame e que canto antes llo consinta antes cearemos.

—Vamos –dixo Margarida–, colleremos os tres no meu coche. Escoite –engadiu dirixíndose cara a min–, como Nanine xa estará deitada, abra vostede a porta, colla a miña chave e procure non volvela perder.

Biquei a Margarida con todas as miñas forzas.

Xosé entrou nese intre.

—Señor –díxome co aire dun home satisfeito de si mesmo–, as maletas xa están feitas.

—De todo?

—Si, señor.

—Pois, entón desfágaas; xa non me vou.

XVI

Podería contarlle en poucas palabras os comezos daquela relación –díxome Armando–, mais quería que se decatase perfectamente dos acontecementos e gradación polos que chegamos, eu a consentir todo o que quería Margarida, e Margarida a non poder vivir máis que comigo.

Foi ao día seguinte da noite en que veu verme cando lle enviei Manon Lescaut.

A partir daquel momento, como non podía mudar a vida da miña querida, mudei a miña. Quería, ante todo, non deixarlle á miña mente tempo para reflexionar sobre o papel que acababa de aceptar, pois sen querer concibiría unha grande tristeza. Así que a miña vida, tan tranquila decotío, revestiuse de súpeto dunha aparencia de barullo e desorde. Non vaia crer que, por moi desinteresado que sexa, o amor dunha muller mantida sae de balde. Nada é tan caro coma os mil caprichos de flores, palcos, ceas e excursións ao campo, que nunca pode un negar á súa querida.

Xa lle dixen que non tiña fortuna. Meu pai era e segue sendo recadador xeral de C... Goza alí dunha gran reputación de lealdade, grazas á cal atopou a fianza que lle facía falla depositar para tomar posesión dese cargo. Eses ingresos danlle corenta mil francos ao ano, e nos dez anos que leva exercendo puido devolver os cartos da súa fianza e preocupouse de ir aforrando para o dote da miña irmá. Meu pai é o home máis honrado que se pode atopar. Miña nai, ao morrer, deixou seis mil francos de renda, que el dividiu entre a miña irmá e mais eu o día que obtivo o cargo que solicitaba; despois, cando cumprín os vinte e un, engadiu a esa pequena renda unha pensión anual de cinco mil francos, asegurándome que con oito mil francos podería ser moi feliz en París, se xunta aquela renda me poñía a crearme unha posición na avogacía ou na medicina. Vin, entón a París, fixen dereito, saquei o título de avogado e, coma outros moitos mozos, gardei o diploma no peto e déixeime levar un pouco pola vida sedutora de París. Os meus gastos eran moi modestos; só que gastaba en oito meses os ingresos dun ano e pasaba os catro meses de verán na casa de meu pai, o que equivalía a dispor de doce mil libras de renda e dábame a reputación dun bo fillo. Por outra parte, non debía nin un céntimo.

Velaí a miña situación cando coñecín a Margarida.

Xa comprenderá vostede que o meu tren de vida aumentou sen querer. Margarida era de seu moi caprichosa, e formaba parte desa clase de mulleres que nunca considerou como un gasto serio as mil distraccións de que se compón a súa vida. Como quería pasar comigo o maior tempo posible, escribíame pola mañá que comería comigo, non na súa casa, senón en calquera restaurante de París ou nos arredores. Ía buscala, comiamos, iamos ao teatro, a miúdo ceabamos, e pola noite gastara catro ou cinco luíses, o que facía dous mil cincocentos ou tres mil francos ao mes, e reducía o presuposto anual a tres meses e medio, poñéndome na necesidade de contraer débedas ou de abandonar a Margarida.

Pois ben, aceptábao todo, agás esa última posibilidade.

Perdóeme que lle dea toda clase de detalles, mais xa verá cales foron a causa dos sucesos que veñen a continuación. O que lle conto é unha historia verdadeira, sinxela, que conservo toda a inxenuidade dos detalles e toda a simplicidade do seu desenvolvemento.

Comprendín, pois, que, como non había nada no mundo que tivese influencia sobre min para facerme esquecer a miña querida, tiña que atopar un medio para termar dos gastos que me ocasionaba. Ademais aquel amor trastornábame ata tal punto que os momentos que pasaba lonxe de Margarida parecíanme anos, e experimentaba a necesidade de vivir aqueles momentos cunha gran paixón e vivíaos tan axiña que non me decataba de que os vivía.

Comecei por coller cinco ou seis mil francos do meu pequeno capital, e púxenme a xogar, pois dende que pecharon as casas de xogo, xógase en todas partes. Antes, cando un entraba en Frascati, tiña a posibilidade de facer unha fortuna: xogaba contra cartos ao contado, e se perdía, sempre lle quedaba o consolo de pensar que podía ter gañado; mentres que agora, agás nos círculos onde hai aínda unha certa severidade para o pagamento, en canto un gaña unha suma importante, case pode ter a certeza de non recibila. Comprenderase doadamente por que.

O xogo só pode ser practicado por mozos con grandes necesidades e que carecen da fortuna necesaria para soster a vida que levan; xogan, pois, e o resultado é naturalmente o seguinte: cando uns gañan, os perdedores sérvense para pagar dos cabalos e as queridas daqueles señores, o que é moi desagradable. Contráense débedas; relacións que comezan ao redor dun tapete verde rematan en querelas onde o honor e a vida se esgazan sempre un anaco; e cando un é un home honrado, vese ás veces arruinado por outros mozos non menos honrados, cuxo único defecto consistía en non posuíren duascentas mil libras de renda.

Non necesito falarlle dos que fan trampas no xogo, e de cuxa marcha forzosa e condena tardía se decata un o día menos pesado.

Boteime así a esa vida rápida, barullenta, apaixonada, que noutrora me asustaba cando pensaba nela, e que se convertera para min no complemento inevitable do meu amor por Margarida. Que quería vostede que fixese?

As noites que non pasaba na rúa Antin, de telas pasado só na miña, non tería durmido. Os celos desvelaríanme e queimaríame o pensamento e o sangue; pola contra, o xogo desviaba por un momento a febre que invadura o meu corazón e que o levaba a unha paixón, cuxo interese me dominaba sen querer, ata que soaba a hora de volver xunto á miña amante. Entón, e niso recoñecía a forza do meu amor, xa gañase ou perdese, abandonaba desapiadadamente a mesa, compadecendo aos que deixaba alí e que non ían atopar, coma min, a felicidade ao deixala.

Para a maioría o xogo era unha necesidade; para min era un remedio.

Curado de Margarida, estaba curado do xogo.

Deste xeito, en medio de todo aquilo, tiña bastante sangue frío; non perdía máis que o que podía pagar, e non gañaba máis que o que puidese perder.

Polo demais, a sorte favoreceume. Non contraía débedas, e gastaba o triplo de cartos que cando non xogaba. Non era doado resistirse a unha vida que me permitía satisfacer, sen molestia para min, os mil caprichos de Margarida. En canto a ela, seguía queréndome o mesmo e incluso máis.

Como xa lle dixen, comezou por recibirme só dende media noite ata as seis da mañá; máis tarde, fun admitido de cando en vez no seu palco; despois veu cear algunhas veces comigo. Unha mañá fiquei con ela ata as oito, e chegou un día en que non me fun ata o mediodía.

Mentres agardaba a metamorfose moral, producírase en Margarida unha metamorfose física. Propuxérame a súa curación, e a pobre moza, adiviñando a miña intención obedecíame para demostrarme o seu agradecemento. Conseguira sen dureza nin grandes esforzos illala de case todos os seus antigos costumes. O meu médico, que fora vela porque eu lle mandara, dixérame que só o repouso e a tranquilidade podían preservar a súa saúde, de xeito que logrei substituír as súas ceas e os seus insomnios por un réxime san e un sono regular. Margarida ía acostumándose sen querer a aquela nova forma de vida, e notaba os seus efectos saudables. Xa comezaba a pasar algúns seráns na casa, ou ben, se ía bo tempo, envolvíase nun chal de caxemira, cubríase cun veo, e iamos a pé, coma dous nenos, a dar voltas toda a tarde polas alamedas sombrías dos Campos Elisios. Volvía cansa, ceaba lixeiro e deitábase despois de ler ou tocar un pouco, cousa que antes nunca lle sucedera.

A tose, que cada vez que a oía acorábaseme o peito, desaparecera case por completo.

Ao cabo de seis semanas xa non se falaba máis do conde, definitivamente sacrificado; o duque era o único que me obrigaba aínda a agochar a miña relación con Margarida, e ata el foi despedido a miúdo mentres eu estaba alí, co pretexto de que a señora durmía e prohibira que a espertasen.

Da necesidade e mesmo do costume que Margarida adquirira de verme resultou que abandonei o xogo xusto no momento en que un xogador destro o faría. Como resultado, a consecuencia das miñas ganancias atopábame posuidor duns dez mil francos, que me parecían un capital inesgotable.

Chegou a época en que tiña o costume de ir con meu pai e coa miña irmá, mais non me decidía a ir malia recibir a miúdo cartas de ambos os dous que me pregaban que volvese con eles.

A todas esas insistencias respondíalle como mellor podía, repetindo sempre que estaba ben e que non necesitaba cartos, dúas cousas que cría que consolarían un pouco a meu pai polo atraso da miña visita anual.

Así sucedeu que unha mañá Margarida foi espertada por un sol brillante e brincando do leito preguntoume se quería levala a pasar todo o día ao campo.

Mandamos buscar a Prudencia e fomos os tres, non sen que Margarida lle recomendase antes a Nanine que lle dixera ao duque que quixera aproveitar aquel día tan fermoso para irse ao campo coa señora Duvernoy.

Á parte de que a presenza da Duvernoy era necesaria para tranquilizar o vello duque, Prudencia era unha desas mulleres que parecen estar feitas ex profeso para excursións ao campo. Coa súa alegría inalterable e o seu eterno apetito non deixaría un momento de aburrimento aos que acompañaba, e entenderíase perfectamente á hora de encargar os ovos, as cereixas, o leite, o coello salteado, en fin, todo aquilo de que se compón o xantar tradicional nos arredores de París.

Só nos quedaba saber onde iriamos.

Unha vez máis foi Prudencia quen nos sacou do apuro.

—Queren ir ao campo de verdade? –preguntou.

—Si.

—Pois entón, imos a Bougival, ao Point du Jour, onda viúva Arnould. Armando, vaia alugar unha carruaxe.

Unha hora e media despois estabamos onda viúva Arnould.

Quizais coñeza vostede esa pousada, hotel durante a semana e merendeiro os domingos. Dende o xardín, que está á altura do primeiro andar normal, descóbrese unha vista magnífica. Á esquerda, o acueduto de Marly pecha o horizonte; á dereita, a vista esténdese sobre infinitos outarelos; o río, case sen corrente naquel punto, desprégase como unha larga cinta prateada entre a chaira dos Gabillons e a illa de Croissy, eternamente arrolada polo tremor dos altos álamos e o rumor dos salgueiros.

Ao fondo, no medio dun amplo raio de sol, érguense casiñas brancas con tellados vermellos e fábricas que, ao perder coa distanza o seu carácter duro e comercial, completan admirablemente esa paisaxe.

Ao fondo, París no medio da brétema!

Como nos anticipara Prudencia, aquilo era o campo de verdade e, debo dicilo, tamén foi un verdadeiro xantar.

Non digo todo isto por agradecemento á felicidade que lle debín, mais Bougival, a pesar de que o seu nome non é moi suxestivo, é un dos lugares máis bonitos que se poida imaxinar. Viaxei moito, vin grandes cousas, mais non máis encantadoras que esa pequena aldea alegremente deitada ao pé do outarelo que a gorece.

A señora Arnould propúxonos organizar un paseo en barca, que Prudencia e Margarida aceptaron con ledicia.

Asociouse sempre o campo ao amor, e fíxose ben, pois non hai mellor marco para a muller amada có ceo azul, os olores, as flores, a brisa, a soidade escintilante dos campos e dos bosques.

Por moito que se queira a unha muller, por moita confianza que se teña nela, por moita certeza que sobre o porvir nos brinde o seu pasado, sempre está un máis ou menos celoso. Se estivo vostede namorado, seriamente namorado, xa experimentaría esa necesidade de illar do mundo ao ser dentro do cal desexaría vivir por completo. Parece como se a muller amada, por indiferente que sexa a canto a rodea, pérdese algo do seu perfume e da súa unidade ao contacto cos homes e coas cousas. Eu experimentaba aquilo moito máis forte ca calquera outro. O meu amor non era un amor ordinario; estaba tan namorado como calquera criatura humana pode estar, mais estábao de Margarida Gautier, o que quería dicir que en París, a cada paso, podía tropezar cun home que fora o amante daquela muller ou que fose selo ao día seguinte. Mentres que no campo, en medio de xentes que nunca viramos e que non se preocupaban de nosoutros, no seo dunha natureza engalanada pola primavera e afastada do barullo da cidade, podía amar sen vergonza e sen temor.

Alí desaparecía a cortesá pouco a pouco. Tiña preto de min unha muller nova, fermosa, á que eu amaba, que me quería e que se chamaba Margarida; o pasado xa non tiña formas, nin o porvir sombras. O sol iluminaba a miña querida como podía ter iluminado a máis casta noiva. Paseabamos por aquelas paraxes cativadoras, que parecen feitas á mantenta para lembrar os versos de Lamartine ou cantar as melodías de Scudo. Margarida levaba un vestido branco, pendurábase do meu brazo, repetíame pola noite, baixo o ceo estrelado, as verbas que me dixera a véspera, e o mundo continuaba ao lonxe vivindo a súa vida, sen manchar coa súa sombra o cadro risoño da nosa xuventude e do noso amor. Velaí o soño que o sol ardente daquel día me levaba a través das follas, mentres, tombado enriba da herba da illa onde atracaramos, ceibe de todas as ataduras humanas que antes retiñan os meus pensamentos, deixaba a miña mente vagar e acubillar todas as esperanzas que encontraba.

Engada a iso que, dende o sitio en que me atopaba, vía unha preciosa casiña de dous andares cunha reixa semicircular; a través da reixa, diante da casa, unha pradaría verde, lisa coma o veludo, e detrás da casa un pequeno bosque cheo de misteriosos agochos e que cada mañá borraría baixo a carriza o carreiro feito a véspera.

Plantas rubideiras agochaban a escalinata daquela casa deshabitada, que subían ata o primeiro andar.

A forza de ollar aquela casa cheguei por convencerme de que era miña: resumía tan ben o soño que tivera. Víame alí con Margarida, durante o día no bosque que cubría o outarelo, pola serán sentados na herba, e preguntábame se algunha vez se podería atopar criaturas máis felices ca nós.

—Que casa máis bonita! –díxome Margarida, que seguira a dirección da miña mirada e quizais tamén as miñas cavilacións.

—Onde? –preguntou Prudencia.

—Aquela de acolá –e Margarida sinalaba co dedo a casa en cuestión.

—Ah! Preciosa –replicou Prudencia–. Gústalle?

—Moito.

—Pois ben, dígalle ao duque que lla alugue; estou segura de que lla alugará. Se quere, encárgome diso.

Margarida olloume, como para preguntarme que pensaba daquela proposición.

O meu soño esvaecérase coas últimas palabras de Prudencia e botoume tan cruelmente á realidade, que aínda estaba aloulado pola caída.

—É unha idea excelente, madía leva –besbellei, sen saber o que dicía.

—Pois ben, arranxareino todo –díxome Margarida apertándome a man, que interpretaba as miñas palabras segundo o seu desexo–. Imos ver agora mesmo se se pode alugar.

A casa estaba baleira e alugábase por dous mil francos.

—Será feliz vostede aquí? –preguntoume.

—Podo estar seguro de vir aquí?

—E por quen cre que viría enterrarme aquí, de non ser por vostede?

—Pois ben, deixe, Margarida, que sexa eu mesmo quen alugue esta casa.

—Está tolo? Non só é inútil, senón que sería perigoso. Sabe de sobra que non podo aceptar nada que non veña dun home determinado, así que deixese guiar, meu neno grande, e non diga nada.

—Iso quere dicir que, cando teña dous días libres, virei pasalos na súa casa –dixo Prudencia.

Deixamos a casa e collemos a estrada de París parolando daquela nova decisión. Tiña a Margarida nos meus brazos e ao baixar do coche comezaba xa a considerar a proposición da miña querida cun espírito menos escrupuloso.

XVII

Ao día seguinte, Margarida despediume cedo, dicíndome que o duque ía vir a primeira hora e prometeu que me escribiría en canto marchase, para darme a cita de cada noite.

En efecto, durante o día recibín estas palabras:

«Vou a Bougival co duque; vaia a casa de Prudencia esta noite ás oito».

Á hora indicada Margarida estaba de volta e viña reunirse comigo na casa da señora Duvernoy.

—Pois ben, xa todo está arranxado –dixo ao entrar.

—Está alugada a casa? –preguntou Prudencia.

—Si, consentiu axiña.

Non coñecía ao duque, mais dábame vergonza enganalo daquel xeito.

—Mais iso non é todo! –continuou Margarida.

—Hai máis aínda?

—Preocupeime do aloxamento de Armando.

—Na mesma casa? –preguntou Prudencia rindo.

—Non, en Point du Jour, onde xantamos o duque e mais eu; mentres el contemplaba a paisaxe, pregunteille á señora Arnould, pois chámase así?, pregunteille se dispoñía dun apartamento axeitado. Tiña xustamente un, con salón, recibidor e dormitorio. Creo que todo o que fai falla. Custaba sesenta francos mensuais. Amoblado de tal xeito que podería distraer a un hipocondríaco. Reserveino. Fixen ben?

Boteime aos brazos de Margarida.

—Será marabilloso –continuou–; vostede terá unha chave da porta pequena, e prometinlle ao duque unha chave do enreixado, que non collerá, porque non irá máis que de día, se chega a ir. Entre nosoutros, creo que está encantado deste capricho que me afasta de París durante algún tempo e fará calar un pouco á súa familia. No entanto, preguntoume como, gustándome tanto París, decidira enterrarme no campo; respondinlle que me atopaba doente e que era para descansar. Non pareceu crerme de todo. Ese pobre vello está un pouco escamado. Tomaremos, pois, moitas precaucións, meu querido Armando, pois fará que me vixíen dende lonxe; e non se trata só de que me alugue a casa, cómpre tamén que pague as miñas débedas, e desgraciadamente teño algunhas. Agrádalle todo isto?

—Si –respondín, intentando dominar todos os escrúpulos que aquel xeito de vivir espertaba de vez en cando.

—Visitamos toda a casa polo miúdo, e estaremos alí de marabilla. O duque inquietábase por todo. Ah, querido meu! –engadiu aquela tola abrazándome–, non estará vostede coitado: é todo un millonario o que lle fai a cama.

—E cando se mudan? –preguntou Prudencia.

—O antes posible.

—Leva o seu coche e os seus cabalos?

—Levarei toda a casa. Encargarase do meu piso durante a miña ausencia.

Oito días despois Margarida tomara posesión da casa de campo, e eu instalárame en Point du Jour.

Entón comezou unha vida que me custaría moito traballo describila.

Ao comezo da súa estadía en Bougival, Margarida non puido romper de todo cos seus costumes e, como a casa sempre estaba en festa, viñan vela todas as súas amigas; durante un mes non pasou un día sen que Margarida non tivese oito ou dez persoas á súa mesa. Pola súa parte, Prudencia levaba todas as persoas que coñecía e facíalles todos os honores da casa coma se fose súa.

Como pode imaxinar, os cartos do duque pagaban todo aquilo, e aínda así de cando en vez Prudencia pedíame un billete de mil francos en nome de Margarida. Sabido era que gañara algúns cartos no xogo; así que me apuraba a entregarlle a Prudencia o que Margarida me pedía a través dela, e temendo que necesítase máis do que eu tiña, viñen a París a pedir emprestados unha cantidade igual á das outras veces, e que sempre devolvera con puntualidade.

Así pois, outra vez me atopaba rico coa posesión duns dez mil francos, sen contar a miña pensión.

No entanto, o pracer que experimentaba Margarida ao recibir as súas amigas tivo que acougar un pouco ante os gastos que aquel pracer xeraba, e, sobre todo, ante a necesidade na que ás veces se vía de pedirme cartos. O duque, que lle alugara aquela casa para que Margarida repousase, non aparecía nunca por alí, receando sempre atoparse cunha alegre e numerosa compañía da que non quería deixarse ver.

Iso sucedeu dende que un día veu cear a soas con Margarida, e atopouse no medio dun xantar de quince persoas, que aínda non acabaran á hora que el contaba sentar na mesa para cear. Cando, sen sospeitar nada, abriu a porta do comedor, unha gargallada xeral acolleu a súa entrada, e viuse obrigado a retirarse de súpeto ante a impertinente ledicia das mulleres que se atopaban alí.

Margarida ergueuse da mesa, e foi procurar ao duque no cuarto do lado, e intentou, dentro do posible, facerlle esquecer aquela aventura; mais o vello, ferido no seu amor propio, gardoulle rancor e díxolle con bastante crueldade á pobre muller que estaba farto de pagar as toleadas dunha muller que nin sequera era capaz de facer que o respectasen na súa casa, e marchou moi anoxado.

Desde aquel día non volvemos oír falar del. Margarida despediu os seus convidados e cambiou de costumes; e, no entanto, o duque non volveu dar sinais de vida. Con iso eu saíra gañando que a miña querida me pertencese totalmente e que o soño se realizase por fin. Margarida non podía pasar sen min. Sen preocuparse das consecuencias, pregoaba publicamente a nosa unión, e cheguei a non saír xa da súa casa. Os criados chamábanme señor, e mirábanme oficialmente como o seu amo. Prudencia chamáralle a atención a Margarida sobre as repercusións daquela nova vida; mais ela respondéralle que me amaba, que non podía vivir sen min e que, ocorrese o que ocorrese, non renunciaría á felicidade de terme sempre ao seu carón, engadindo que todos aos que non lles agradase eran moi libres de non volver.

Iso foi o que oín un día en que Prudencia lle dixo a Margarida que tiña algo moi importante que lle dicir, mentres escoitaba á porta do seu cuarto, onde ambas as dúas se pecharan.

Algún tempo despois volveu Prudencia. Eu atopábame ao fondo do xardín cando ela entrou; non me viu; sospeitei, polo xeito en que Margarida saíu ao seu encontro, que unha conversa semellante á que xa sorprendera ía ter lugar de novo, e quixen escoitala coma a outra.

As dúas mulleres pecháronse na sala e púxenme á escoita.

—E ben? –preguntou Margarida.

—Vin o duque.

—Que lle dixo?

—Que lle perdoa de boa gana a primeira escena, mais que lle informaron de que vive vostede publicamente co señor Armando Duval e que iso non llo perdoa. «Que Margarida deixe a ese mozo –díxome–, e coma no pasado volvereille dar todo o que queira, pois, pola contra, terá que renunciar a pedirme nada».

—Que lle respondeu vostede?

—Que lle comunicaría a súa decisión, e prometinlle que a faría entrar en razón. Reflexione, miña querida, na posición que perde e que nunca lle poderá dar Armando. El quérea con toda a alma, mais non ten fortuna de abondo para facer fronte a todas as súas necesidades, e chegará un día en que non lle quedará máis remedio que abandonala cando xa sexa demasiado tarde e o duque non queira facer nada por vostede. Quere que fale con Armando?

Margarida parecía reflexionar, pois non respondía. O corazón latexábame con forza agardando a súa resposta.

—Non –contestou–, non abandonarei a Armando, e non me ocultarei para vivir con el. Quizais sexa un loucura, pero ámoo! Que quere vostede? E ademais, agora acostumouse a quererme sen obstáculos e sufriría moito ao verse obrigado a abandonarme aínda que non fose máis que unha hora ao día. Por outra banda, non vou vivir tanto tempo para non aproveitalo e ser unha desgraciada e sometida aos caprichos dun vello, cuxa visión faime envellecer. Que garde os seus cartos; vivirei ben sen eles.

—Pero como se amañará vostede?

—Non o sei.

Prudencia ía sen dúbida responder algo, mais entrei de súpeto e corrín a botarme aos pés de Margarida, empapando as súas mans de bágoas que me facía verter a alegría de ser amado así.

—A miña vida é túa, Margarida, non necesitas nada dese home. Non estou eu aquí? Como poderei abandonarte nunca nin pagarche de abondo a dita que me proporcionas? Non máis disimulos, Margarida miña.

Non nos amamos? Que nos importa o resto?

—Oh, si, quéroo, Armando meu! –murmurou cinguindo cos seus brazos o meu pescozo–. Ámote como nunca crin que puidese amar. Seremos felices, viviremos tranquilos e direi un adeus eterno a esa vida da que agora me avergonzo. Nunca me botarás en cara o pasado, non si?

As bágoas velaban a miña voz. Non puiden responder máis que apertar a Margarida contra o meu corazón.

—Vamos –dixo, virándose cara a Prudencia, cunha voz emocionada–, cóntelle esta escena ao duque e engada que non o necesitamos.

A partir daquel día xa non se falou máis do duque. Margarida non era xa a moza que coñecera. Evitaba todo o que me puidese lembrar aquela vida en medio da cal a atopara. Nunca unha muller, nunca unha irmá tivo co seu esposo ou co seu irmán o amor e os coidados que ela tiña comigo.

Aquela natureza enfermiza estaba aberta a todas as impresións, era accesible a todos os sentimentos. Rompera coas súas amigas e cos seus costumes, coa súa linguaxe e cos gastos doutrora. Cando nos vían saír da casa para ir dar un paseo nunha preciosa barquiña que comprara, ninguén crería que aquela muller vestida de branco, cuberta cun gran sombreiro de palla e cun sinxelo abrigo de seda no brazo para gorecela da humidade, era a mesma Margarida Gautier que catro meses antes chamaba a atención co seu luxo e cos seus escándalos.

Apurámonos a ser felices, coma se adiviñásemos que non podiamos selo por moito tempo.

Había dous meses que nin sequera iamos a París. Ninguén fora vernos, agás Prudencia e esa Xulia Duprat, da que antes lle falei e a quen Margarida entregaría máis tarde o conmovedor relato que teño no meu poder.

Pasaba os días enteiros aos pés da miña querida. Abriamos as ventás que daban ao xardín e gozabamos do verán baixo a sombra das árbores e entre o perfume das flores; respirabamos xuntos aquela vida auténtica que nin Margarida nin eu comprenderamos concibir ata entón.

Aquela muller asombrábase coma un nena polas máis pequenas cousas. Había días que corría polo xardín coma unha nena de dez anos detrás dunha bolboreta ou dun cabaliño do demo. Aquela cortesá, que fixera gastar en ramos de flores máis cartos do que necesitaría toda unha familia para vivir feliz, ás veces sentaba enriba da herba, durante unha hora, para examinar a sinxela flor que levaba o seu nome.

Foi naquela tempada cando leu a miúdo Manon Lescaut. Sorprendina moitas veces facendo anotacións no libro: non deixaba de dicirme que, cando unha muller ama, non pode facer o que Manon facía.

O duque escribiulle dúas ou tres veces. Recoñecía a letra e entregábame as cartas sen lelas.

Algunhas veces, os termos daquelas cartas facíame saltar as bágoas.

Crera que ao pecharlle o peto a Margarida, volvería con el; mais cando viu a inutilidade daquel medio, non puido aguantar máis; escribiulle pedindo coma outras veces permiso para volver, calquera que fosen as condicións que puxese para a súa volta.

Lin, pois, aquelas cartas urxentes e reiterativas, e esnaquiceinas sen dicir a Margarida o seu contido e sen aconsellarlle que volvese ver o vello, aínda que me invadía un sentimento de piedade pola dor daquel pobre vello; mais temía que puidese ver naquel consello o desexo de que o duque retomase as súas antigas visitas e facerlle levar de novo os gastos da casa; aínda que o que máis me acovardaba era que me crese capaz de negarme a cargar coa responsabilidade da súa vida en calquera circunstancia que o seu amor por min puidese arrastrala.

O resultado final foi que o duque, ao non recibir resposta, deixoulle de escribir, e que Margarida e mais eu seguimos vivindo xuntos sen preocuparnos polo futuro.

XVIII

Darlle detalles sobre a nosa nova vida sería difícil. Compoñíase dunha serie de rapazadas, encantadoras para nosoutros, pero insignificantes para aqueles a quen se llelas contase. Xa sabe vostede o que é amar a unha muller, xa sabe como se acurtan os días e con que amorosa preguiza se deixa un arrastrar ao día seguinte. Non ignora vostede ese esquecemento de todas as cousas, que nace cun amor violento, confiado e compartido. Todo ser que non sexa a muller amada semella un ser inútil na creación. Un sente ter deixado anacos do seu corazón a outras mulleres, e non albisca a posibilidade de apertar xamais outra man distinta da que ten entre as súas. O cerebro non admite traballo nin lembranzas; nada, en fin, que poida distraelo do único pensamento que se lle presenta decote. Cada día descubrimos na nosa querida un encanto novo, unha voluptuosidade descoñecida. A existencia non é máis que o cumprimento reiterado dun desexo continuo; a alma non é máis que a vestal encargada de manter o lume sagrado do amor.

A miúdo, cando chegaba a noite, iamos sentar baixo un pequeno bosque dominaba a casa. Alí escoitabamos as alegres harmonías da noite, soñando ambos os dous na hora próxima que nos ía deixar a un en brazos do outro ata a mañá seguinte. Outras veces ficabamos deitados todo o día sen deixar nin sequera que entrasen as raiolas do sol no noso cuarto. As cortinas estaban hermeticamente botadas e o mundo exterior detíñase un momento para nosoutros. Nanine era a única que tiña dereito a abrir a nosa porta, mais só para traernos a comida, que tomabamos sen erguernos, interrompéndoa a miúdo con risos e bagatelas. A isto sucedía un sono breve, porque desaparecendo o noso amor, nosoutros eramos coma dous submarinistas teimudos que non volven á superficie máis que para coller folgos.

No entanto, ás veces, sorprendía momentos de tristura e mesmo bágoas en Margarida; preguntáballe de onde viña esa saudade repentina, e respondíame:

—O noso amor non é un amor ordinario, meu querido Armando. Ámasme coma se eu nunca pertencese a ninguén, e arrepíome cando penso que máis tarde te poidas arrepentir do teu amor e, xulgando un crime o meu pasado, me obrigues a botarme outra vez á existencia en medio da cal me colliches. Pensa que agora que gocei dunha nova vida, morrería se tivese que volver á de antes. Dime, pois, que non me abandonarás xamais.

—Xúrocho!

Ante aquelas palabras, mirábame para ler nos meus ollos se o meu xuramento era sincero, despois botábase nos meus brazos e, agochando a cabeza no meu peito, dicíame:

—É que ti non sabes canto te amo!

Unha noite, estabamos apoiados na varanda da ventá contemplando a lúa, que parecía saír con dificultade do seu leito de nubes, e escoitabamos o ruído do vento abaneando as árbores e mentres tanto tiñamos as mans collidas, e levabamos xa un longo cuarto de hora sen falar, cando Margarida me dixo:

—Xa chegou o inverno. Queres que marchemos?

—A onde?

—A Italia.

—Abúrreste, entón?

—Témolle ao inverno e, sobre todo, a nosa volta a París.

—Por que?

—Por moitas cousas.

E proseguiu nun ton seco, sen darme as razóns dos seus temores.

—Queres que nos vaiamos? Venderei todo o que teño e iremos vivir alá; non me quedará nada do que fun, ninguén saberá quen son. Queres?

—Marchemos, se ese é o teu gusto, Margarida; fagamos unha viaxe –díxenlle–; mais, que necesidade tes de vender as cousas que che gustará atopar á túa volta? Non teño fortuna de abondo para aceptar un sacrificio semellante, mais teño abondo para que poidamos viaxar ben durante cinco ou seis meses, se iso te divirte.

—Para que, despois de todo –continuou, retirándose da ventá e indo sentar no sofá na escuridade do cuarto–, para que vas gastar os cartos a algures, se xa che custo diñeiro de máis aquí.

—Bótasmo en cara, Margarida, e iso non está ben.

—Perdón, amigo –dixo, tendéndome a man–; este tempo de tormenta ponme nerviosa, non digo o que quero dicir.

E, despois de abrazarme, quedou mergullada nunha profunda abstracción.

Moitas veces ocorreron escenas semellantes, e aínda que ignoraba as causas, non por iso deixaba de adiviñar en Margarida un sentimento de inquedanza ante o porvir. Ela non podía dubidar do meu amor, pois cada día era maior, e no entanto a miúdo víaa tristeira, sen que nunca me dese outra explicación do motivo das súas tristuras que non fose por causas físicas.

Teimando que cansase dunha vida demasiado monótona, propoñíalle volver a París; mais sempre rexeitaba aquela proposta e asegurábame que en ningures podía ser tan feliz coma no campo.

Prudencia viña só raras veces, mais, pola contra, escribíalle longas cartas que nunca lle pedín que me amosara, aínda que cada vez que chegaban deixaban a Margarida nunha profunda preocupación. Non sabía que pensar.

Un día, Margarida ficou no seu cuarto. Entrei. Estaba escribindo.

—A quen lle escribes? –pregunteille.

—A Prudencia. Queres que che lea o que lle escribo?

Arrepiabame todo o que puidese parecer sospeita, e respondín, polo tanto, que non necesitaba saber o que escribía; e, no entanto, tiña a certeza de que aquela carta me revelaría a verdadeira causa das súas tristezas.

Ao día seguinte ía un tempo marabilloso. Margarida propúxome ir dar un paseo en barca e visitar a illa de Croisy. Parecíame que estaba moi contenta; eran as cinco cando volvemos.

—Veu a señora de Duvernoy –dixo Nanine ao vernos entrar.

—Xa se foi? –preguntou Margarida.

—Si, no coche da señora; dixo que era o acordado.

—Moi ben –dixo axiña Margarida–, que poñan a mesa.

Dous días despois chegou unha carta de Prudencia, e durante quince días Margarida pareceu ter roto coas súas misteriosas melancolías, polas que non deixaba de pedirme perdón desde que deixaran de existir.

No entanto, o coche non volvía.

—A que se debe que Prudencia non che devolva o teu cupé? –pregunteille un día.

—Un dos cabalos está enfermo e hai que facer uns amaños no coche. É mellor que todo iso se faga agora mentres estamos aquí, onde non necesitamos o coche, que esperar a que volvamos a París.

Prudencia veu vernos algúns días despois e confirmoume o que Margarida me dixera.

As dúas mulleres pasearon a soas polo xardín, e cando me reunín con elas cambiaron de conversa.

Pola noite, ao marchar, Prudencia queixouse do frío, e rogoulle a Margarida que lle prestase un mantón de caxemira.

Así transcorreu un mes, durante o cal Margarida se amosou máis alegre e máis namorada ca nunca.

Non obstante, o coche non volveu, o mantón de caxemira non foi devolto, todo iso intrigábame, a pesar meu; e, como sabía en que caixón gardaba Margarida as cartas de Prudencia, aproveitei un intre en que estaba ao fondo do xardín para intentar abrilo, mais este esforzo foi en balde porque estaba pechado con dobre volta de chave.

Entón rexistrei aqueles sitios onde de costume se atopan as xoias e os diamantes. Estas, cos seus estoxos correspondentes, desapareceran.

Un temor angustioso oprimiume o corazón.

Ía esixirlle a Margarida a verdade sobre aquelas desaparicións; mais, con seguridade, non mo confesaría.

—Miña boa Margarida –díxenlle entón–, veño pedirche permiso para ir a París. Na miña casa non saben onde estou, e deben ter chegado cartas de meu pai; sen dúbida está preocupado, e cómpre que lle escriba.

—Vai, amigo meu –díxome–, mais volve cedo.

Marchei.

Fun deseguida a casa de Prudencia.

—Vexamos –díxenlle sen máis preliminares–, respóndame francamente: Onde están os cabalos de Margarida?

—Vendidos.

—O mantón de caxemira?

—Vendido.

—Os diamantes?

—Empeñados.

—E quen os vendeu e empeñou?

—Eu.

—Por que non mo advertiu?

—Porque Margarida mo prohibiu.

—E por que non me pediu vostede diñeiro?

—Porque ela non quixo.

—E en que empregou eses cartos?

—En pagar.

—Entón debe moito?

—Trinta mil francos, máis ou menos. Ai, querido meu!, non llo dixera?, e non me quixo crer; pois, agora xa se convenceu. O tapiceiro foi despedido cando se presentou na casa do duque, o cal lle escribiu ao día seguinte dicíndolle que non fará nada pola señorita Gautier. Ese home quería diñeiro e deille a conta uns miles de francos que lle pedín a vostede; despois, algunha alma caritativa advertiulle que a súa debedora, abandonada polo duque, vivía cun mozo sen fortuna; os outros acredores foron previdos igualmente, pediron cartos e procederon ao embargo. Margarida quixo vendelo todo, mais xa non había tempo, e ademais eu oporíame. De todos os xeitos era preciso pagar e, para non lle pedir cartos a vostede, vendeu os cabalos, os mantóns e empeñou as xoias. Quere os recibos dos compradores e os xustificantes do Monte de Piedade?

E Prudencia abriu un caixón e amosoume os ditos papeis.

—Oh! –continuou con esa insistencia típica da muller que pode dicir: «Que razón tiña eu!»–. Cre que chega con amarse e ir gozar ao campo unha vida pastoril e soñadora? Non, amigo meu, non. A carón da vida ideal existe unha vida material, e as resolucións máis espirituais está suxeitas á terra por fíos ridículos, mais de ferro, e que non sempre se rompen tan doadamente. Se Margarida non o enganou vinte veces, é debido á natureza excepcional de seu. E non será porque eu non llo aconsellase, pois dábame mágoa ver a pobre rapaza desprenderse de todo. Mais ela non quixo! Respondeume que o amaba e que non o enganaría por nada do mundo. Todo isto é moi bonito, moi poético, mais non, con esa moeda non se paga aos acredores, e hoxe non pode saír do apuro por menos de trinta mil francos, repítollo.

—Está ben, dareille esa cantidade.

—Vaina pedir emprestada?

—Dende logo.

—Valente cousa vai vostede facer; rifará co seu pai, comprometerá os seus recursos, e ademais non se atopan tan doadamente trinta mil francos de hoxe para mañá. Créame, querido Armando, coñezo mellor as mulleres que vostede, non faga esa toleada, da que algún día se arrepentirá. Sexa razoable. Non lle digo que abandone a Margarida, mais viva con ela como vivía ao comezo do verán. Déixeme achar os medios para saír do apuro. O duque volverá outra vez a ela pouco a pouco. Se amigase co conde de N..., dicíamo onte mesmo, pagaralle todas as súas débedas e daralle catro ou cinco mil francos ao mes. Ten duascentas mil libras de renda. Para ela será unha boa posición, mentres que vostede antes ou despois terá que deixala; non agarde para iso a verse arruinado, posto que ese conde de N... é un apoucado, e nada lle impedirá ser o amante de Margarida. Ela chorará un pouco ao comezo, mais acabará por acostumarse e agradeceralle algún día o que fixo. Supoña que Margarida está casada e engana ao seu marido; iso é todo.

Todo isto xa llo dixen noutra ocasión; soamente que daquela non era máis que un consello, mentres que hoxe é case unha necesidade.

Prudencia tiña, desgraciadamente, razón.

—O que pasa –continuou, volvendo dobrar os papeis que me acababa de amosar– é que as mulleres mantidas prevén que as amarán, mais nunca que amarán elas; pois, pola contra, irían aforrando cartos e aos trinta anos poderían permitirse o luxo de ter un amante gratis. Ah, se soubese o que sei agora! En fin, non lle diga nada a Margarida e tráiaa a París. Viviu vostede catro ou cinco meses só con ela, e é razoable; todo o que se lle pide agora é que peche os ollos. Dentro de quince días ela amigará co conde de N...; aforrará este inverno, e o verán que vén volverán estar xuntos outra vez. Así é como hai que facer as cousas, querido!

E Prudencia parecía encantada co seu consello, que eu rexeitaba con indignación.

Non só o meu amor e a miña dignidade me impedían obrar así, senón que estaba absolutamente convencido de que, no punto ao que chegara, Margarida morrería antes de aceptar repartirse así.

—Vale xa de chancearse de min –díxenlle a Prudencia–. Definitivamente, canto lle fai falla a Margarida?

—Xa llo dixen, uns trinta mil francos.

—E para cando lle fai falla esa cantidade?

—Antes de dous meses.

—Teraa.

Prudencia encolleu os ombros.

—Enviareilla a vostede –continuei–; mais tenme que xurar que non lle dirá a Margarida quen lla deu.

—Estea tranquilo.

—E se lle manda que venda ou empeñe algo máis, avíseme.

—Non hai perigo, xa non ten nada.

Antes pasei pola miña casa para ver se había cartas de meu pai.

Había catro.

XIX

Nas tres primeiras cartas meu pai inquietábase polo meu silencio e preguntábame a causa; na última dábame a entender que o informaran do meu cambio de vida e anunciábame a súa próxima chegada.

Sempre sentín un gran respecto e un sincero afecto por meu pai. Así que respondinlle que unha pequena viaxe fora a causa do meu silencio, e rogueille que me avisase o día da súa chegada para poder saír ao seu encontro.

Deille ao meu criado o meu enderezo do campo, encargándolle que me levase a primeira carta que chegase selada da cidade de C..., e marchei axiña para Bougival.

Margarida agardábame á porta do xardín.

A súa mirada expresaba inquedanza. Abrazoume e non puido evitar dicirme:

—Viches a Prudencia?

—Non.

—Estiveches moito tempo en París!

—É que recibín cartas de meu pai, e tiven que contestarlle.

Un intre despois entrou Nanine toda alporizada. Margarida ergueuse e falou con ela en voz baixa.

Cando Nanine saíu, Margarida volveu sentar ao meu carón e díxome colléndome a man:

—Por que me enganaches? Fuches a casa de Prudencia.

—Quen cho dixo?

—Nanine.

—E como o sabe?

—Porque te seguiu.

—Entón dixécheslle que me seguise?

—Si. Pensei que se precisaba un motivo poderoso para facerte ir dese xeito a París, cando non me abandonaches en catro meses.

Temía que che sucedese unha desgraza ou que quizais foses ver outra muller.

—Que nena es!

—Agora estou tranquila; sei o que fixeches, mais aínda non sei o que che dixeron.

Amoseille a Margarida as cartas de meu pai.

—Non é iso o que che pregunto; o que me gustaría saber é por que fuches a casa de Prudencia.

—Para vela.

—Estás mentindo, amigo meu.

—Pois ben, fun a preguntarlle se o cabalo estaba mellor e se xa non lle facía falla o teu mantón de caxemira nin as túas xoias.

Margarida arroibouse, mais non respondeu.

—E –continuei– souben do uso que fixeches dos cabalos, dos mantóns e dos diamantes.

—E estás enfadado comigo?

—O que non che perdoo é a túa falta de confianza para pedirme o que necesitases.

—Nunha relación como a nosa, se a muller ten aínda un pouco de dignidade, debe imporse todos os sacrificios posibles antes de pedir cartos ao seu amante e dar un aspecto interesado ao seu amor. Estou segura de que me amas, mais ti non sabes que fráxil é o fío que agarra ao corazón o amor que se ten polas mulleres coma min. Quen sabe! Quizais un día de desacougo ou de aburrimento poderías enxergar na nosa relación un cálculo habilmente planificado! Prudencia é unha larapeta. Para que quería eu os cabalos! Aforrei ao vendelos; podo moi ben pasar sen eles e así non me gastan nada. Todo o que che pido é que me ames, e ti amarasme o mesmo sen cabalos, sen mantóns e sen diamantes.

Todo iso díxoo nun ton tan natural, que non puiden conter as bágoas ao escoitala.

—Pero, miña boa Margarida –respondín apertando con agarimo as mans da miña amada–, sabías perfectamente que algún día daríame conta dese sacrificio e que o día que me decatase non o permitiría.

—Mais por que?

—Pois, porque non podo entender que o agarimo que sentes por min teña que privarte de ningunha xoia. Tampouco quero que nun momento de mal humor ou de enfastío poidas pensar que se vivises con outro home eses momentos non existirían, e que te arrepintas, aínda que non sexa máis que un minuto, de vivir comigo. Dentro duns poucos días, os teus cabalos, os teus diamantes e os teus mantóns seranche devoltos. Sonche tan necesarios coma o aire á vida, e quizais sexa ridículo, mais prefírote suntuosa antes que sinxela.

—Entón é que non me amas.

—Parva!

—Se me amases, deixaríasme quererte ao meu xeito; pola contra, continúas en non ver en min máis que unha muller á que o luxo lle resulta indispensable, e á que te ves obrigado sempre pagar. Dáche vergonza aceptar probas do meu amor. Sen querer, pensas deixarme un día e intentas por todos os medios poñer a túa delicadeza ao abeiro de toda sospeita. Tes razón, amigo meu, mais agardaba outra cousa de ti.

E Margarida fixo un movemento para erguerse; retívena dicíndolle:

—Quero que sexas feliz e que non teñas nada que reprocharme, iso é todo.

—E ímonos separar!

—Por que Margarida? Quen pode separarnos? –pregunteille.

—Ti, que non queres permitirme que comprenda a túa posición, e tes a vaidade de velar pola miña; ti, que, ao conservarme o luxo no medio do cal vivín, queres conservar a distancia moral que nos afasta; ti, en fin, que non cres que o meu agarimo sexa desinteresado de abondo para compartir comigo a túa fortuna, coa que poderiamos vivir felices xuntos, e prefires arruinarte, escravo como es dun prexuízo ridículo. Cres que comparo un coche e unhas xoias co teu amor? Cres que a felicidade consiste para min nas vaidades coas que unha se contenta cando non ama nada, mais que se converten en algo moi mesquiño cando ama? Pagarás as miñas débedas, dilapidarás a túa fortuna e manterasme a final de contas! Canto tempo durará todo iso? Dous ou tres meses, e despois será demasiado tarde para facer a vida que che propoño, pois entón aceptaríalo todo de min, e iso é o que un home de honor non pode facer.

Mentres que agora tes oito ou dez mil francos de renda, cos cales podemos vivir. Do que teño, venderei as cousas que non me fan falla, e só con esta venda terei dúas mil libras ao ano. Alugaremos un bonito piso onde estaremos os dous. En verán viremos ao campo, mais non a unha casa como esta, senón a unha casiña suficiente para dúas persoas. Ti es independente, eu son libre, somos novos; por Deus, Armando, non me volvas botar á vida que me vin obrigada a levar noutrora.

Non puiden responder. Bágoas de agradecemento e de amor encheron os meus ollos, e boteime nos brazos de Margarida.

—Quería arranxalo todo sen dicirche nada –continuou–, pagar todas as miñas débedas e preparar o meu novo piso. No mes de outubro estariamos de volta en París e todo se amañaría; mais, posto que Prudencia cho contou todo, cómpre que consintas antes en vez de consentir despois. Ámasme abondo para iso?

Era imposible resistirse a tanta abnegación. Biquei as mans de Margarida con tenrura e díxenlle:

—Farei todo o que queiras.

Quedou, pois, convido o que ela decidira.

Estaba tola de alegría: bailaba, cantaba, entusiasmábase coa sinxeleza do seu novo piso e consultábame xa sobre a súa distribución e o barrio.

Víaa feliz e orgullosa con aquela resolución, que parecía que ía achegarnos definitivamente o un ao outro.

Así que eu tampouco quixen ser menos ca ela.

Nun intre decidín a miña vida. Fixen balance da miña fortuna para cederlle a Margarida a renda que herdei da miña nai e que me pareceu pouco para recompensar o sacrificio que aceptaba.

Quedábanme os cinco mil francos de pensión que me pasaba meu pai e, sucedese o que sucedese, sempre tería de abondo con esa pensión anual para vivir.

Non lle dixen nada a Margarida do que decidira, convencido como estaba de que rexeitaría aquela doazón.

A dita renda procedía dunha hipoteca de sesenta mil francos sobre unha casa que nin sequera vira.

Todo o que sabía é que cada trimestre o notario de meu pai, un vello amigo da familia, enviábame setecentos cincuenta francos contra un simple recibo.

O día en que Margarida e mais eu viñemos a París para buscar piso, fun ver o notario e pregunteille de que xeito debía de proceder para facer a transferencia daquela renda a outra persoa.

O bo home creume arruinado e preguntoume pola causa daquela decisión. E, como máis cedo ou máis tarde tería que dicirlle a favor de quen facía aquela doazón, preferín contarlle deseguida toda a verdade.

Non me puxo ningunha obxección que a súa posición de notario e de amigo lle autorizaba a facerme, e aseguroume que se encargaría de arranxalo todo do mellor xeito posible.

Recomendeille, naturalmente, a maior discreción respecto a meu pai, e fun reunirme con Margarida, que me esperaba na casa de Xulia Duprat, onde preferira quedar antes de ter que escoitar os sermóns de Prudencia.

Puxémonos a buscar piso. Todos os que viamos a Margarida parecíanlle demasiado caros e a min demasiado sinxelos. No entanto, acabamos por pórnos de acordo e alugamos un nun dos barrios máis tranquilos de París, unha especie de chaleciño, illado do edificio principal.

Detrás do chaleciño había un xardín marabilloso que dependía del, rodeado de paredes elevadas de abondo para afastarnos dos nosos veciños e baixas de abondo para non coutarnos a vista.

Era máis do que imaxinaramos.

Mentres que volvía á miña casa para despedirme do meu piso, Margarida ía ver un home de negocios que, segundo dicía ela, xa fixera por unha das súas amigas o que lle ía pedir que fixese por ela.

Veu buscarme, encantada, á rúa Provenza. Aquel home prometéralle pagar todas as súas débedas, darlle os recibos correspondentes e entregarlle vinte mil francos a cambio de todos os seus mobles.

Xa viu vostede, polo prezo que acadou a poxa, que aquel honrado varón gañaría máis de trinta mil francos co seu cliente.

Volvemos moi contentos para Bougival, e continuamos facendo os nosos proxectos para o futuro, que, grazas á nosa despreocupación e sobre todo ao noso amor, viámolo todo de cor de rosa.

Oito días despois estabamos comendo, cando Nanine veu dicirme que o meu criado preguntaba por min.

Mandei que entrara.

—Señor –díxome–, seu pai chegou a París, e prégalle que volva decontado a casa, onde o está esperando.

Aquela nova era a cousa máis normal do mundo e, non obstante, ao recibila, Margarida e mais eu mirámonos.

Adiviñamos unha desgraza tras aquel incidente.

Así que, sen que me dese conta daquela impresión que eu compartía, respondín dándolle a man:

—Non temas.

—Volve o antes posible –besbellou Margarida abrazándome–, agardareite na ventá.

Enviei a Xosé a dicir a meu pai que xa ía.

E dúas horas máis tarde estaba na casa da rúa Provenza.

XX

Meu pai, en bata, estaba sentado no meu salón e escribía.

Comprendín axiña, polo xeito de erguer a vista cando entrei, que se ía tratar de cousas graves.

No entanto, trateino coma se non adiviñase nada no seu rostro e biqueino.

—Cando chegou vostede, padre?

—Onte á noite.

—Veu vostede á miña casa coma de costume?

—Si.

—Sinto moito non estar aquí para recibilo.

Agardaba ver xurdir ao rematar a miña frase a reprimenda que delataba a cara seria de meu pai; mais non respondeu nada, pechou a carta que remataba de escribir e entregoulla a Xosé para que a botase ao correo.

Cando estivemos sós, meu pai ergueuse e, apoiándose contra a cheminea, díxome:

—Querido Armando, temos que falar de cousas serias.

—Escóitoo, padre.

—Prométesme ser franco?

—É o meu costume.

—É verdade que vives cunha muller chamada Margarida Gautier?

—Si.

—Sabes o que era esa muller?

—Unha mantida.

—É a causa pola que esqueciches vir vernos este ano a min e máis a túa irmá?

—Si, padre, confésoo.

—Queres, entón, moito a esa muller?

—Vostede ben o ve, padre, posto que me fixo faltar a un deber sagrado, polo que lle pido humildemente perdón.

Meu pai non agardaba, sen dúbida, oír respostas tan categóricas, pois pareceu reflexionar un intre, ao cabo do cal dixo:

—Comprenderás, evidentemente, que non poderías vivir sempre así?

—Iso temo, padre, mais non o pensei.

—Mais si debía ter pensado vostede –continuou meu pai nun ton máis xoto– que eu non o ía tolerar.

—Pensei que, mentres non fixese nada que fose en contra do respecto que lle debo ao seu nome e á probidade tradicional da familia, podería vivir como vivo, o cal me tranquilizou un pouco respecto aos temores que tiña.

As paixóns fortalecen fortemente os sentimentos. Estaba disposto a loitar contra todo, mesmo contra meu pai, con tal de conservar a Margarida.

—Entón chegou o momento de vivir doutro xeito.

—E por que, padre?

—Porque está a piques de facer cousas que feren o respecto que cre ter pola súa familia.

—Non entendo esas palabras.

—Pois voullas explicar. Que teña unha querida, está moi ben; que a pague como un home galante debe pagar o amor dunha muller mantida, non pode estar mellor; mais que esqueza por ela as cousas máis sagradas, que permita que o balbordo da súa vida escandalosa chegue ata o fondo da miña provincia e bote a sombra dunha mancha sobre o honorable apelido que lle dei, velaí o que non pode ser e non será.

—Permítame que lle diga, padre, que os que o advertiron sobre min están mal informados. Son o amante da señorita Margarida Gautier e vivo con ela: é a cousa máis natural do mundo. Non lle dou á señorita Gautier o apelido que recibín de vostede, gasto con ela o que os meus medios me permiten, non teño débedas e, en fin, non estou en ningunha desas situacións que autorizan a un pai a dicirlle ao seu fillo o que vostede acaba de dicirme.

—Un pai está sempre autorizado a afastar o seu fillo da mala vida en que o ve mergullado. Aínda non fixo nada malo, mais farao.

—Padre!

—Coñezo a vida mellor ca vostede, cabaleiro. Só nas mulleres completamente castas hai sentimentos completamente puros. Toda Manon pode facer un Des Grieux, mais o tempo e os costumes cambiaron. Sería inútil que o mundo envellecese, se non se corrixise. Deixará a súa querida.

—Sinto ter que desobedecelo, padre, mais iso é imposible.

—Obrigareino.

—Desgraciadamente, padre, non hai máis illas Santa Margarida onde enviar as cortesás, e aínda que as houbese, seguiría ata alí á señorita Gautier, se conseguise vostede que a enviasen. Que quere? Pode que estea equivocado, mais non poderei ser feliz máis que coa condición de seguir sendo o amante desa muller.

—Veña, Armando, abra os ollos, recoñeza que seu pai sempre o quixo e que só desexa a súa felicidade. É honroso para vostede ir vivir maritalmente cunha muller que foi de todo o mundo?

—E iso que importa, padre, se xa non será de ninguén máis! Que importa, se esa muller me ama, se se corrixe polo amor que sente por min e polo amor que eu sinto por ela! Que importa, en fin, se hai conversión!

—Vaia! E cre, cabaleiro, que a misión dun home de honor é andar convertendo cortesás? Cre que Deus deu esa grotesca finalidade á vida e que o corazón non debe de ter outro entusiasmo ca ese? Cal será o resultado desta cura marabillosa, e que pensará do que me di arestora cando teña corenta anos? Rirá do seu amor, se é que aínda pode rir, se non deixou pegadas demasiado fondas no seu pasado. Que sería vostede neste momento, se o seu pai tivese as súas ideas e abandonase a súa vida a todos eses arrebatos do amor, en vez de guiala con firmeza baixo un pensamento de honor e lealdade? Reflexione, Armando, e non diga máis parvadas. Veña, deixe esa muller, o seu pai suplícallo.

Non respondín nada.

—Armando –continuou meu pai–, en nome da súa santa nai, créame, renuncie a esa vida, que esquecerá antes do que pensa e á que o encadea un razoamento imposible. Ten vinte e catro anos, pense no porvir. Non pode amar sempre a unha muller que tampouco o amará sempre. Ambos os dous están esaxerando o seu amor. Está pechando todos os camiños. Un paso máis e xa non poderá abandonar a ruta na que se atopa e toda a súa vida sentirá remorsos da súa xuventude. Marche, veña pasar un mes ou dous preto da súa irmá. O repouso e o amor piadoso da familia curarano axiña desta febre, pois non é outra cousa. Mentres tanto, a súa querida consolarase, collerá outro amante e, cando vexa vostede por quen estivo a piques de rifar con seu pai e de perder o seu afecto, dirame que fixen ben en vir procuralo e bendicirame. Veña, marcharás, non é así, Armando?

Comprendía que meu pai tiña razón no que dicía respecto a todas as mulleres, mais estaba convencido de que non a tiña falando de Margarida. No entanto, o ton no que me dixera as súas últimas palabras era tan doce, tan suplicante, que non ousei responderlle.

—Pois ben? –díxome con voz emocionada.

—Pois, padre, non podo prometerlle nada –dixen ao cabo–. O que me pide é superior ás miñas forzas. Créame –continuei, ao ver que facía un movemento de impaciencia–, esaxera os resultados desta unión. Margarida non é a muller que vostede cre. Este amor, lonxe de botarme a unha mala vida, é quen, pola contra, de desenvolver en min os máis honorables sentimentos. O amor verdadeiro sempre nos fai mellores; calquera que sexa a muller que o inspire. Se coñecese a Margarida, comprendería que non me expoño a nada. É tan nobre coma a muller máis nobre. Todo o que hai de avaricia nas outras, é desinterese nela.

—O que non lle impide aceptar toda a súa fortuna, pois os sesenta mil francos que lle veñen da súa nai, e que agora lle dá, son, lembre ben o que lle digo, a súa única fortuna.

Probablemente meu pai gardara esta perorada e aquela ameaza para darme o último golpe.

Mais sentíame máis forte ante as súas amezas que ante os seus rogos.

—Quen lle dixo que lle ía ceder esa cantidade? –díxenlle.

—O meu notario. Faría un home honrado semellante acto sen avisarme? Pois ben, para evitar a súa ruína en favor dunha perdida, vin a París. Ao morrer a súa nai deixoulle abondo para vivir honradamente, mais non para andar facendo xenerosidades coas súas queridas.

—Xúrolle, padre, que Margarida ignoraba esa doazón.

—E entón por que a facía?

—Porque Margarida, esa muller que vostede calumnia e que quere que abandone, sacrificou todo o que posúe por vivir comigo.

—E vostede acepta ese sacrificio? Que clase de home é, señor meu, para permitir que unha señorita Margarida lle sacrifique nada? Veña, xa está ben. Vai deixar esa muller. Ata agora suplicáballo, agora ordénollo; non quero semellantes accións indecorosas na miña familia. Faga a súa equipaxe e dese présa.

—Perdóeme, padre –dixen entón–, mais non marcharei.

—Por que?

—Porque xa non teño idade de obedecer ordes.

Ante aquela resposta meu pai palideceu.

—Está ben, señor –repuxo–; xa sei o que teño que facer.

Chamou.

Xosé apareceu.

—Que leven as miñas maletas ao hotel París –díxolle ao meu criado. E ao mesmo tempo marchou ao cuarto, onde rematou de vestirse.

Cando volveu aparecer, saínlle ao paso.

—Padre –díxenlle–, prométame que non fará nada que poida facer sufrir a Margarida?

Meu pai detívose, olloume con desdén e limitouse a responder:

—Creo que está vostede tolo.

E dito isto, saíu pechando con violencia a porta detrás del.

Tamén eu saín, collín un cabriolé e partín para Bougival.

Margarida agardábame na ventá.

XXI

—Por fin! –berrou, botándoseme nos meus brazos–. Xa estás de volta! Que pálido estás!

Entón conteille a escena con meu pai.

—Ai, meu Deus! Temíao –dixo ela–. Cando Xosé veu anunciarnos a chegada de teu pai, estremecín como ante o presaxio dunha desgraza. Pobre amigo meu! Eu son a causante de todas estas mágoas. Quizais sería mellor que me deixases que desgustarte con teu pai. No entanto, eu non lle fixen nada. Vivimos ben tranquilos e imos vivir máis tranquilos aínda. Sabe de sobra que necesitas ter unha querida, e debería de estar contento que sexa eu, pois ámote e non ambiciono nada que a túa posición non che permita. Dixécheslle como acordamos vivir no futuro?

—Si, e iso é o que máis o alporizou, pois viu nesa determinación a proba do noso amor mutuo.

—Que imos facer entón?

—Seguir xuntos, miña boa Margarida, e deixar pasar esta treboada.

—Pasará?

—Indubidablemente.

—E se teu pai non se conforma con iso?

—Que queres que faga?

—E que sei eu? Todo o que un pai é quen de facer para que o seu fillo lle obedeza. Lembrarache a miña vida pasada e farame, quizais, o honor de inventar algunha nova historia para que me abandones.

—Ben sabes como te quero.

—Si, mais sei tamén que máis cedo ou máis tarde un ten que obedecer a seu pai, e quizais rematarás por deixarte convencer.

—Non, Margarida, son eu quen o convenza. Foron os dixomedíxome dalgún amigo seu os que o fixeron encabuxarse deste xeito; mais el é bo, xusto, e volverase atrás da súa primeira impresión. Despois de todo, que me importa!

—Non digas iso, Armando; preferiría calquera cousa antes de permitir que a xente crea que te poño a mal coa túa familia; deixa pasar este día e mañá volve a París. Teu pai reflexionará pola súa parte, como ti o farás pola túa, e quizais vos entenderedes mellor. Non vaias en contra dos seus principios, aparenta que fas algunhas concesións aos seus desexos; que non pareza que tes tanto apego por min, e acabará por deixar as cousas como están. Agarda, amigo meu, e estate seguro dunha cousa, e é que, ocorra o que ocorra, a túa Margarida será sempre túa.

—Xúrasmo?

—Necesito xurarcho?

Que doce é deixarse persuadir pola voz que se ama! Margarida e mais eu pasamos todo o día repetíndonos os nosos proxectos coma se comprendésemos a necesidade de realizalos aínda máis de présa. Agardabamos a cada minuto calquera acontecemento, mais, afortunadamente, o día transcorreu sen ningunha novidade.

Ao día seguinte, ás dez, marchei, e cheguei ao hotel cara ao mediodía.

Meu pai xa saíra.

Fun á miña casa, onde agardaba que quizais fose. Ninguén estivera alí. Fun a casa do meu notario.

Ninguén!

Volvín ao hotel e agardei ata as seis. O señor Duval non apareceu.

Collín outra vez o camiño de Bougival.

Atopei a Margarida, non agardándome como a véspera, senón sentada a carón do lume, que xa era necesario nesa estación.

Estaba tan mergullada nas súas reflexións que me acheguei á súa cadeira de brazos sen que se decatase da miña presenza. Cando a biquei na fronte, tremeu coma se aquel bico a espertase de súpeto.

—Asustáchesme –dixo–. E teu pai?

—Non o vin. Non sei que quere dicir isto. Non o atopei nin no seu hotel nin en ningún dos enderezos onde había posibilidade de que estivese.

—Ben, entón volverás mañá.

—Danme ganas de agardar a que me chame. Creo que xa fixen todo o que tiña que facer.

—Non, meu amigo, iso non é abondo; cómpre que volvas ver a teu pai, mañá por enriba de todo.

—Por que mellor mañá que outro día?

—Porque –díxome Margarida, que pareceu arroibarse un pouco ante aquela pregunta–, porque a insistencia pola túa parte parecerá así máis viva, e o noso perdón será máis rápido.

Durante o resto do día, Margarida estivo preocupada, distraída, triste. Víame obrigado a repetirlle dúas veces calquera cousa que lle dixese para obter unha resposta. Explicou aquela preocupación aos temores que lle inspiraban para o porvir os acontecementos ocorridos dende había dous días.

Pasei a noite tranquilizándoa, ao día seguinte fíxome marchar cunha insistente inquedanza que non era normal.

Coma a véspera, meu pai estaba ausente; mais, ao saír, deixárame esta carta:

«Se volve verme hoxe, agárdame ata as catro; se a esa hora non volvín, volva mañá para comer comigo: cómpre que falemos».

Agardei ata a hora indicada. Meu pai non apareceu. Marchei.

Se a véspera atopara a Margarida triste, aquel día atopeina febril e alporizada. Ao verme entrar abrazoume e estivo chorando durante moito tempo nos meus brazos.

Pregunteille por aquela dor de súpeto, cuxa gradación me alarmaba. Non me deu ningunha razón concreta, alegando todo o que a unha muller se lle pode ocorrer cando non quere dicir a verdade.

Cando estivo un pouco calmada, conteille os resultados da miña viaxe; amoseille a carta de meu pai, facéndolle ver que podiamos augurar algo bo dela.

Coa vista daquela carta e o comentario que fixen, as bágoas chegaron ata tal punto, que chamei a Nanine e, temendo unha crise nerviosa, deitamos a pobre moza, que seguía chorando sen dicir unha palabra, aínda que me collía as mans e bicábaas a cada intre. Pregunteille a Nanine se, durante a miña ausencia, recibira a súa ama algunha carta ou algunha visita que puidese motivar o estado no que a achei, mais Nanine respondeume que non viñera ninguén nin lle trouxeran nada.

No entanto, algo ocorrera dende a véspera, o que era moito máis inquietante, posto que Margarida mo agochaba.

Pola noite parecía un pouco máis calmada; e, facéndome sentar aos pés da súa cama, repetiume moito tempo a seguridade do seu amor. Despois sorría, mais facendo un esforzo, pois, a pesar seu, os ollos enchíanselle de bágoas.

Empreguei todos os meus recursos para facerlle confesar a verdadeira causa daquela mágoa, mais teimou en seguir dándome todas as vagas razóns que xa lle dixen.

Rematou por adormecer nos meus brazos, mais con esa clase de sono que quebranta o corpo no canto de repousalo; de cando en vez botaba un berro, acordaba sobresaltada e despois de asegurarse que estaba a seu carón, facíame xurar que a querería sempre.

Non chegaba a entender esas intermitencias de dor, que se alongaron ata a mañá. Entón Margarida caeu nunha especie de sopor. Levaba dúas noites sen durmir.

Aquel repouso non durou moito.

Cara ás once, Margarida espertou e, ao verme levantado, ollou ao seu redor gritando:

—Vaste xa?

—Non –díxenlle, colléndolle as mans–, mais quixen deixarte durmir. É moi cedo aínda.

—A que hora te vas a París?

—Ás catro.

—Tan axiña? Ata entón estarás comigo, non si?

—Pois claro, non o fago sempre?

—Que felicidade! Almorzamos? –continuo con aire distraído.

—Coma queiras.

—E despois, abrazarasme ben forte ata marchar?

—Si, e volverei axiña.

—Volverás? –preguntoume, fitándome con ollos de dúbida.

—Abofé que si.

—Iso é o que debe ser, volverás esta noite e eu agardareite coma de costume, e amarasme, e seremos tan felices como o somos dende que nos coñecemos.

Dicía todas estas palabras farfallando, e parecían agochar un pensamento doloroso tan insistente, que tremía a cada intre ver caer a Margarida no delirio.

—Escoita –díxenlle–, estás enferma, non podo deixarte así. Voulle escribir a meu pai que non me espere.

—Non! Non! –berrou de socato–. Non fagas iso. Teu pai volvería acusarme de que che impido ir con el cando te quere ver. Non, non, cómpre que vaias, tes que ir! Ademais non estou enferma, atópome de marabilla. O que tiven foi un pesadelo e aínda non estaba ben esperta.

A partir dese intre, Margarida intentou amosarse máis contenta. Non chorou máis.

Cando chegou a hora de marchar, biqueina, e pregunteille se quería acompañarme ata a estación de tren; esperaba que o paseo a distraería e que o aire lle sentaría ben.

Quería sobre todo estar con ela canto máis tempo mellor.

Aceptou, colleu un abrigo e acompañoume con Nanine para non volver soa.

Moito loitei comigo mesmo para marchar. Mais a esperanza de volver axiña e o temor de incomodar de novo a meu pai contra min contivéronme, e collín o tren.

—Ata a noite –díxenlle a Margarida ao deixala.

Non me respondeu.

Xa outra vez non me respondeu a esa mesma frase, e o conde de G..., como lembrará vostede, pasou a noite na súa casa; mais aqueles tempos estaba tan arredados, que parecían borrados da miña memoria e, se algo temía, non era dende logo que Margarida me enganase.

Nada máis chegar a París, fun correndo a casa de Prudencia a rogarlle que fose ver a Margarida, coa esperanza de que a súa locuacidade e alegría a distraesen.

Entrei sen facerme anunciar, e atopei a Prudencia no toucador.

—Ah! –díxome cun aire inquedo–. Veu Margarida con vostede?

—Non.

—Como se atopa?

—Non está moi ben.

—Non virá entón?

—E a que tiña que vir?

A señorita Duvernoy púxose encarnada e respondeume con certo apuro.

—Quería dicir que, como veu vostede a París, se non vai vir reunirse con vostede?

—Non.

Ollei a Prudencia; baixou a mirada, e na súa fisionomía crin ler o temor de que a miña visita se alongase.

—Viña rogarlle, miña querida Prudencia, que se non ten outra cousa que facer, vaia ver a Margarida este serán; faríalle vostede compañía e podería durmir alí. Nunca a vin como está hoxe, e coido que pode enfermar.

—Hoxe como na cidade –respondeume Prudencia–, e non poderei ir ver a Margarida; mais vereina mañá.

Despedinme da señora Duvernoy, que parecía case tan preocupada coma Margarida, e fun procurar a meu pai ao seu hotel.

Ao entrar, olloume con atención e tendeume a man.

—As súas dúas visitas agradáronme moito, Armando –díxome–; fixéronme esperar que reflexionase pola súa parte, como eu fixen pola miña.

—Padre, podo permitirme preguntarlle cal foi o resultado das súas reflexións?

—Pois foi, querido fillo, que esaxerei a importancia das noticias que me chegaron, e prometinme que non debo ser tan severo contigo.

—Que me di, padre? –berrei con ledicia.

—Digo, querido fillo, que cómpre que todo home novo teña unha querida e que, despois das novas pescudas, prefiro que sexa o amante da señorita Gautier que doutra muller.

—Padre querido, que feliz me fai vostede!

Falamos uns intres e despois sentamos á mesa. Meu pai estivo moi amable todo o tempo que durou a cea.

Eu tiña présa por volver a Bougival para contarlle a Margarida aquel ditoso cambio. A cada momento ollaba o reloxo de parede.

—Ollas a hora –díxome meu pai–, estás impaciente por marchar. Oh, xuventude! Sempre sacrificaredes os afectos sinceros polos dubidosos?

—Non diga iso, padre! Margarida quéreme, estou seguro.

Meu pai non respondeu; non tiña trazas de dubidar nin de crer.

Insistiu moito para que pasase o serán con el e para que non me fose ata o día seguinte; mais díxenlle que deixara a Margarida doente e pedinlle permiso para volver con ela cedo, prometéndolle volver ao día seguinte.

Ía bo tempo; quixo acompañarme ata a estación. Nunca me sentira tan feliz. O porvir presentábaseme tal e como soñara dende había moito tempo.

Quería a meu pai máis que nunca.

No intre en que ía marchar insistiu por última vez para que quedase; negueime.

—Así que a queres, eh? –preguntoume

—Coma un tolo.

—Vaite entón!, e pasou a man pola fronte coma se quixese escorrentar un pensamento; despois abriu a boca como para dicirme algo, mais contentouse con apertarme a man, e soltándoma de súpeto, exclamou:

—Deica mañá, entón!

XXII

Parecíame que o tren non andaba.

Cheguei a Bougival ás once.

Non había luz en ningunha das ventás da casa, chamei sen que ninguén me respondese.

Era a primeira vez que me ocorría unha cousa parecida. Por fin apareceu o xardineiro. Entrei. Apareceu Nanine cunha vela. Achegueime ao cuarto de Margarida.

—Onde está a señora?

—A señora foi a París –respondeume Nanine.

—A París!

—Si, señor.

—Cando?

—Unha hora despois de marchar vostede.

—E non deixou nada para min?

—Nada.

Nanine marchou.

«É capaz de ter desconfiado de min –pensei–, e debe de ir a París para asegurarse que a visita que lle dixen que ía facer a meu pai non era un pretexto para ter un día de liberdade».

«Quizais Prudencia lle escribise por algún asunto importante», dixen para min ao quedar só; mais xa vira a Prudencia á miña chegada e non me dixera nada que me puidese facer sospeitar que lle escribira a Margarida.

De súpeto lembrei aquela pregunta que me fixera a señora Duvernoy cando lle dixen que Margarida estaba doente: «Entón non virá hoxe?». Lembrei ao mesmo tempo a turbación de Prudencia cando a ollei despois daquela frase que parecía delatar unha cita. A esa lembranza engadíase as bágoas de Margarida durante todo o día, bágoas que a boa acollida de meu pai me fixera esquecer un pouco.

A partir daquel momento, todos os incidentes da xornada foron amoreándose ao redor da primeira sospeita e fixárona tan solidamente na miña mente, que todo a confirmou, ata a clemencia de meu pai.

Margarida case me esixira que fose a París; finxiu estar tranquila cando lle propuxen quedar con ela. Caera nunha trampa? Margarida estábame enganando? Contara con estar de volta con tempo de abondo para que non me decatase da súa ausencia, e unha casualidade retivéraa? Por que non lle dixera nada a Nanine ou por que non me escribira? Que querían dicir aquelas bágoas, aquela ausencia, aquel misterio?

Velaí o que me preguntaba con arrepío no medio do cuarto baleiro e fitando o reloxo de parede que marcaba as doce da noite, que parecía dicirme que era demasiado tarde para que agardase aínda a volta da miña amada.

No entanto, despois das medidas que acababamos de tomar, co sacrificio ofrecido e aceptado, podía ser certo que me enganase? Non. Intentei rexeitar as miñas primeiras suposicións.

A pobre rapaza atoparía un comprador para os seus mobles e iría a París para pechar o trato. Non me querería avisar; pois sabe que, aínda que a acepto, esa venda, necesaria para a nosa felicidade futura, resúltame dolorosa, e terá medo de ferir o meu amor propio e a miña sensibilidade falándome dela. Prefire non volver ata que todo rematase. Prudencia agardábaa seguramente para iso e delatárase diante miña. Margarida non podería rematar os seus tratos hoxe e durmirá na súa casa ou quizais vaia chegar dun momento a outro, pois debía de sospeitar a miña inquedanza e non quererá deixarme só aquí.

Pero entón, a que veñen esas bágoas? Sen dúbida, malia o seu amor por min, a pobre rapaza non podería decidirse, sen chorar, abandonar o luxo ao que estaba acostumada e que a facía feliz e envexada.

Perdoáballe de boa gana tales sentimentos a Margarida. Agardábaa inquedo para dicirlle, enchéndoa de bicos, que adiviñara a causa da súa misteriosa ausencia.

Entrementres, a noite avanzaba e Margarida non chegaba.

A inquedanza comezaba pouco a pouco a invadirme e premerme o corazón e a cabeza. Quizais lle sucedera algo! Quizais estaba ferida, enferma, morta! Quizais vería un mensaxeiro anunciándome algún doloroso accidente! Quizais o día me achase na mesma incerteza e cos mesmos temores!

A idea de que Margarida me estivese enganando á mesma hora que a agardaba en medio dos terrores que a súa ausencia me causaba non volveu ocorrérseme. Facía falla unha causa allea á súa vontade para retela lonxe de min, e canto máis cavilaba niso, máis convencido estaba de que a causa non podía ser máis que algunha desgraza. Oh, vaidade do home, como sabes amosarte baixo calquera forma!

Acababa de dar a unha. Dixen para min que ía agardar unha hora máis; e que, se ás dúas Margarida non viñera, iría a París.

Na espera procurei un libro, pois non me atrevía a pensar máis.

Enriba da mesa estaba aberto Manon Lescaut. Pareceume que en certos lugares as páxinas estaban molladas como por bágoas. Despois de follealo, volvín pechar o libro, pois a través do veo das miñas dúbidas, a súa lectura parecíame carecer de sentido.

A hora transcorría paseniño. O ceo estaba cuberto. Unha chuvia de outono azoutaba os vidros. O leito baleiro semellaba tomar por momentos o aspecto dunha tumba. Tiña medo.

Abrín a porta. Escoitei e non oín nada máis que o ruído do vento entre as árbores. Non pasaba ningún coche polo camiño. Soou tristemente a media noite no reloxo da igrexa.

Cheguei a temer que entrase alguén. Parecíame que só a aquela hora e con aquel tempo sombrío podía chegarme unha desgraza.

Deron as dúas. Agardei un pouco máis. Só o reloxo de parede turbaba o silencio co seu ruído monótono e cadencioso.

Por fin deixei aquel cuarto, onde os menores obxectos revestíranse dese aspecto triste que dá todo o que rodea a inquieta soidade do corazón.

No cuarto do lado atopei a Nanine adormecida enriba da súa costura. Co ruído da porta espertou e preguntoume se a súa señora non volvera.

—Non, mais, se volve, dígalle que non puiden aturar máis a miña inquedanza e que fun a París.

—A estas horas?

—Si.

—Mais, como? Non vai atopar un coche.

—Irei a pé.

—Pero está chovendo!

—Que me importa!

—A señora estará a piques de chegar, e se non o fai terá sempre tempo durante o día de ir ver que a retivo. Exponse a ser asasinado polo camiño.

—Non hai perigo, miña querida Nanine; deica mañá.

A criada foi buscar o meu abrigo, botoumo aos ombros, e ofreceuse para ir espertar a tía Arnould e preguntarlle se era posible atopar un coche; mais eu opúxenme, convencido de que con ese intento, quizais infrutuoso, perdería máis tempo do que empregaría en percorrer a metade do camiño.

Ademais necesitaba aire e un cansazo físico que esgotase a sobreexcitación que me abafaba.

Collín a chave do apartamento da rúa Antin e, despois de despedirme de Nanine, que me acompañara ata o enreixado, marchei.

Ao principio botei a correr, mais a terra estaba mollada e cansaba dobremente. Ao cabo de media hora vinme obrigado a deter: suaba a cachón. Collín folgos e continuei o meu camiño. A noite era tan escura, que a cada intre temía bater contra algunha das árbores do camiño, que se presentaban de súpeto diante dos meus ollos co aspecto de grandes pantasmas que viñan enriba de min.

Atopei unha ou dúas carretas que axiña deixei atrás.

Unha carruaxe dirixíase a trote longo cara a Bougival. No intre en que pasaba diante miña, asaltoume a esperanza de que Margarida ía dentro.

Detívenme berrando:

Margarida! Margarida!

Pero ninguén me respondeu e a carruaxe continuou o seu camiño. Enxerguei como se afastaba e botei a andar outra vez.

Tardei dúas horas en chegar á porta da Estrela.

A vista de París deume forzas, e baixei correndo a longa avenida que tantas veces percorrera.

Aquela noite non pasaba ninguén por alí.

Diríase que paseaba por unha cidade morta.

Comezaba a abrir o día.

Cando cheguei a rúa Antin, a gran cidade comezaba xa a pórse en movemento un pouco antes de espertar de todo.

No momento en que entraba na casa de Margarida daban as cinco no reloxo da igrexa de Saint-Roch.

Deille o meu nome ao porteiro, quen recibira de min moitas moedas de vinte francos para saber que tiña dereito a ir ás cinco da mañá a casa da señorita Gautier.

Pasei, pois, sen impedimentos.

Puiden preguntarlle se Margarida estaba na casa, mais poderíame responder que non, e prefería mellor dubidar dous minutos máis, pois dubidando agardaba aínda.

Estiven atento á porta, procurando descubrir un ruído, un movemento.

Nada. O silencio do campo parecía alongarse ata alí.

Abrín a porta e entrei.

Todas as cortinas estaban hermeticamente botadas.

Abrín as do comedor, dirixinme ao cuarto e empurrei a porta.

Descorrín violentamente as cortinas; entrou unha luz feble e corrín ao leito.

Estaba baleiro!

Abrín as portas, unha tras outra, revisei todos os cuartos.

Ninguén.

Era para volverse tolo.

Entrei no cuarto de baño, abrín a ventá e chamei a Prudencia varias veces.

A ventá da señora Duvernoy permaneceu pechada.

Entón baixei á portería e pregunteille se a señorita Gautier non viñera a casa durante o día.

—Si –respondeume aquel home–, coa señora Duvernoy.

—Non lle deixou nada para min?

—Nada.

—Sabe o que fixeron despois?

—Subiron nun coche.

—Que clase de coche?

—Un cupé particular.

Que significaba todo aquilo?

Chamei á porta veciña.

—Onde vai vostede? –preguntoume o porteiro despois de abrirme.

—A casa da señora Duvernoy.

—Non volveu.

—Está seguro?

—Si, señor; velaquí unha carta que me trouxeron para ela onte pola noite e que aínda non lla puiden entregar.

E o porteiro amosoume unha carta a que lle botei maquinalmente unha ollada.

Recoñecín a letra de Margarida.

Collín a carta.

No enderezo dicía o seguinte:

«Señora Duvernoy, para entregar ao señor Duval».

—Esta carta é para min –díxenlle ao porteiro, e amoseille o enderezo.

—É vostede o señor Duval? –preguntoume aquel home.

—Si.

—Ah!, xa o coñezo. Vostede acostumaba vir a miúdo a casa da señora Duvernoy.

Unha vez na rúa, esgacei o sobre.

A súa lectura non me espantaría máis cá caída dun raio aos meus pés.

«Armando, cando lea esta carta, xa serei a querida doutro home. Así que todo rematou entre nosoutros. Volva co seu pai, amigo meu, vaia ver a súa irmá, moza casta, ignorante de todas as nosas miserias, e xunto dela esquecerá moi axiña todo o que lle fixo sufrir esa perdida que chaman Margarida Gautier, a quen quixo vostede amar uns intres e que lle debe os únicos momentos felices dunha vida que agarda que xa non será moi longa».

Cando lin a derradeira palabra, crin volverme tolo.

Por un momento tiven realmente medo de caer na rúa. Pasoume unha nube polos ollos e o sangue batíame nas tempas.

Ao fin repúxenme un pouco, ollei ao meu redor, abraiado de ver que a vida dos demais seguía sen deterse na miña desgraza.

Non era forte de abondo para aturar eu só o golpe que me daba Margarida.

Entón lembrei que meu pai estaba na mesma cidade ca min, que en dez minutos podía estar a carón del, e que, calquera que fose a causa da miña dor, el compartiríaa.

Corrín coma un tolo, coma un ladrón, ata o hotel de París; atopei a chave posta na porta do cuarto de meu pai. Entrei.

Estaba lendo.

A xulgar pola pouca sorpresa que amosou ao verme aparecer, diríase que me agardaba.

Boteime nos seu brazos sen dicirlle unha palabra, deille a carta de Margarida e, deixándome caer na súa cama, chorei os sete chorares.

XXIII

Cando todas as cousas da vida volveron ao seu, non podía crer que o día que comezaba non sería para min semellante aos que o precederan. Había momentos en que me figuraba que algunha circunstancia que non podía lembrar, fixérame pasar a noite fóra da casa de Margarida, mais que, se volvía a Bougival, atoparíaa inqueda, como eu o estivera, e preguntaríame que me retivera tan lonxe dela.

Cando a existencia contraeu un hábito coma o do amor, parece imposible que ese hábito poida romperse sen crebar asemade todos os demais resortes da vida.

Así que víame obrigado a reler de vez en cando a carta de Margarida para convencerme de que non soñara.

O meu corpo, rendido pola sacudida moral, era incapaz de facer ningún movemento. A inquedanza, a camiñada da noite e a nova de mañá esgotáranme. Meu pai aproveitouse daquela prostración total das miñas forzas para arrancarme a promesa formal de ir con el.

Prometinlle todo o que quixo. Era incapaz de manter unha discusión e necesitaba un afecto sincero que me axudase a vivir despois do que acaba de ocorrer.

Sentíame moi orgulloso de que meu pai me quixese consolar dunha mágoa tan grande.

Todo o que lembro é que aquel día, cara ás cinco, fíxome subir con el nunha cadeira de posta. Sen dicirme nada, mandara que preparasen a miñas maletas, que as colocasen coas súas detrás do coche, e levoume con el.

Non me decatei do que facía ata que saímos da cidade e a soidade do campo fíxome ver o baleiro do meu corazón.

Outra vez enchéronseme os ollos de bágoas.

Meu pai comprendeu que ningunha palabra, nin sequera a súa, me consolarían, e deixoume chorar sen dicir nada, contentándose ás veces con apertarme a man, como para lembrarme que tiña un amigo ao meu carón.

Pola noite durmín un pouco. Soñei con Margarida.

Espertei asustado, non comprendía porque estaba nun coche.

Despois volvín á realidade e deixei caer a cabeza sobre o peito.

Non me atrevía a falar con meu pai por temor a que me dixese:

«Ves como tiña razón ao negar o amor desa muller?».

Mais non abusou da súa vantaxe e chegamos a C... sen que me dixese máis que palabras completamente alleas ao acontecemento que me fixera marchar.

Cando biquei a miña irmá, lembrei as palabras da carta de Margarida que se referían a ela, mais comprendín axiña que, por moi boa que fose, a miña irmá non lograría facerme esquecer a miña amante.

Era tempada de caza, e meu pai pensou que me serviría de distracción. Así que organizou saídas de caza con veciños e amigos. Ía a elas sen repugnancia, mais sen entusiasmo, con esa especie de apatía que caracterizaba todas as miñas accións dende a miña partida.

Cazabamos ás toas. Poñíame no meu posto. Colocaba a escopeta descargada ao meu carón e soñaba.

Ollaba como corrían as nubes. Deixaba que o meu pensamento errase polas chairas solitarias, e de vez en cando oía que algún cazador me chamaba para amosarme unha lebre a dez pasos de min.

Ningún daqueles detalles se lle escapaba a meu pai, e non se deixaba enganar pola miña calma exterior.

Comprendía moi ben que, por moi aflixido que estivese, o meu corazón tería calquera día unha reacción terrible, quizais perigosa, e evitando parecer que me consolaba, facía o posible por distraerme.

A miña irmá, naturalmente, non estaba ao tanto de todo o sucedido, e así non se explicaba por que eu, tan alegre noutras ocasións, me volvera de súpeto tan triste e pensativo.

Ás veces, sorprendido en medio da miña tristeza pola ollada inquietante de meu pai, dáballe a man e apertaba a súa para pedirlle ás caladas perdón polo mal que, ao meu pesar, lle facía.

Transcorreu así un mes, que foi o máis que puiden aguantar.

A lembranza de Margarida perseguíame de continuo. Amara e amaba demasiado aquela muller para que de súpeto me puidese resultar indiferente. Era preciso, sobre todo, que, fose cal fose o meu sentimento cara a ela, a volvese ver, e canto antes mellor.

Ese desexo fixouse no meu pensamento con toda a violencia da vontade que á fin reaparece nun corpo inerte dende hai moito tempo.

Facíame falla Margarida, mais non no futuro, dentro dun mes, de oito días; facíame falla ao día seguinte de ter aquel pensamento; e fun dicirlle a meu pai que tiña que deixalo, pois uns asuntos reclamaban a miña presenza en París, mais que volvería axiña.

Adiviñou, sen dúbida, o motivo que me facía marchar, pois insistiu para que quedase; mais, comprendendo que se non realizaba aquel desexo no estado alporizado no que me achaba, podería ter consecuencias nefastas para min; abrazoume e rogoume, case con bágoas nos ollos, que volvese axiña preto del.

Non durmín ata chegar a París.

Unha vez que cheguei, que ía facer? Ignorábao. Mais ante todo tiña que ocuparme de Margarida.

Fun á miña casa para mudar o traxe, e como ía moi bo tempo e aínda era boa hora, dirixinme aos Campos Elisios.

Ao cabo de media hora enxerguei, dende a rotonda á praza da Concordia, o coche de Margarida.

Recuperara os seus cabalos, pois o coche era o mesmo de antes; só que ela non ía dentro.

Apenas notara a súa ausencia, cando, ao ollar ao meu redor, vin a Margarida que viña a pé, acompañada dunha muller que non vira ata entón.

Ao pasar ao meu carón palideceu, e un sorriso nervioso contraeu os seus beizos. En canto a min, sentín un brinco no corazón; mais conseguín dar unha expresión de indiferenza ao meu rostro e saudei friamente a miña antiga querida, que se dirixiu deseguida ao seu coche, ao que subiu coa súa amiga.

Coñecía a Margarida. O meu encontro inesperado debeu perturbala. Sen dúbida, tivera noticias da miña viaxe, que a tranquilizara sobre as consecuencias da nosa ruptura; mais, ao verme volver, ao atoparse fronte a fronte comigo, pálido como estaba, debeu de comprender que a miña volta obedecía a algún fin e preguntaríase o que ía suceder.

Se atopase a Margarida infeliz; se, para vingarme dela, puidese ir na súa axuda, quizais a perdoaría, e dende logo non pensaría en facerlle dano; mais atopeina feliz, polo menos en aparencia; outro devolvéralle o luxo que eu non puiden termar; a nosa ruptura, que viña dela, adquiría por conseguinte o carácter do máis baixo interese; estaba ferido no meu amor propio tanto coma no meu amor, e era necesario que pagase o que sufrira.

Non podía quedar indiferente ante o que facía aquela muller; polo tanto o que lle podía facer máis dano era a miña indiferenza; había, pois, que finxir tal sentimento, non soamente aos seus ollos, senón ante os ollos dos demais.

Intentei poñer unha cara risoña e fun a casa de Prudencia.

A doncela foime anunciar e fíxome esperar uns minutos no salón.

Apareceu por fin a señora Duvernoy e fíxome pasar á saliña; no momento en que sentaba oín abrir a porta do salón, e un paso lixeiro fixo renxer o parqué; despois alguén pechou violentamente a porta de fóra .

—Moléstoa? –pregunteille a Prudencia.

—De ningún xeito. Margarida estaba aquí. Cando oíu o seu nome, fuxiu; era ela a que acaba de saír.

—É que agora doulle medo?

—De ningunha maneira, mais teme que lle resulte desagradable volvela ver.

—E por que? –dixen, facendo un esforzo por respirar libremente, pois a emoción afogábame–; a pobre rapaza abandonoume para recobrar o seu coche, os seus mobles e os seus diamantes; fixo ben, e non debo por iso gardarlle rancor. Atopeime hoxe con ela –continuei con indiferenza.

—Onde? –dixo Prudencia, que non deixaba de ollarme e parecía preguntarse se aquel home era o mesmo que coñecera tan namorado.

—Nos Campos Elisios. Estaba con outra muller moi fermosa. Quen é esa muller?

—Como é?

—Loura, delgada, con caracois no pelo; ollos azuis e moi elegante.

—Ah, é Olimpa! Unha rapaza moi fermosa, en efecto.

—Con quen vive?

—Con ninguén e con todo o mundo.

—Onde vive?

—Na rúa Tronchet, nº... Ah! Vaia! É que lle quere facer as beiras?

—Quen sabe o que pode pasar.

—E Margarida?

—Dicirlle que non penso nada nela, seríalle mentir; mais son deses homes aos que lles afecta moito o xeito de romper as relacións. E, Margarida despediume tan á lixeira, que me parece que fun ben parvo estar tan namorado como o estiven, porque o estaba ben de verdade.

Imaxínese vostede en que ton intentei dicir aquelas palabras: a auga esvarábame pola fronte.

—Mire, ela amábao de verdade e aínda o segue querendo; a proba é que, despois de terse atopado hoxe con vostede, veu darme parte deste encontro axiña. Cando chegou estaba tremendo, a piques de atoparse mal.

—Pois ben, e que lle dixo?

—Díxome: «Sen dúbida virá vela», e rogoume que lle implore o seu perdón.

—Está perdoada, pode dicirllo. É unha boa rapaza, pero ao fin e ao cabo é unha muller... mantida; e o que me fixo debía esperalo. Ata lle agradezo a súa decisión, pois hoxe pregunto eu onde nos levaría a miña idea de vivir sempre xuntos. Era unha toleada.

—Alegrarase ao saber que caeu na conta ante a necesidade en que ela se atopaba. Xa era hora de que o deixase, querido. O miserable home de negocios a quen lle propuxo vender o seu mobiliario foi ver os seus acredores para preguntarlles canto lles debía; estes tiveron medo, e xa ían poxar todo dentro de dous días.

—E agora está todo pagado?

—Máis ou menos.

—E quen lle deu tantos cartos?

—O conde de N... Ah, querido! Hai para isto homes feitos que nin de encargo. Nunha palabra, deulle vinte mil francos, mais el conseguiu o que se propoñía. Sabe ben que Margarida non está namorada del, o que non lle impide ser moi xeneroso con ela. Como viu, recuperoulle os seus cabalos, desempeñoulle as xoias e dálle tantos cartos como lle daba o duque; se ela quere vivir tranquila, ese home seguirá con ela moito tempo.

—E que fai ela? Vive todo o tempo en París?

—Non quixo volver máis a Bougival dende que vostede marchou. Fun eu quen foi buscar todas as súas cousas, e mesmo as de vostede, coas que lle fixen un paquete que me fará o favor de levar. Está todo, agás unha pequena carteira coas súas iniciais. Margarida quixo conservala e tena na casa.

Se a quere, pedireilla.

—Que quede con ela –tatabexei, pois sentía que as bágoas me subían do corazón aos ollos coa lembranza daquela aldea onde fora tan feliz e coa idea de que Margarida quixese gardar unha cousa miña que me recordase con ela.

Se entrase naquel intre, os meus propósitos de vinganza desaparecerían e botaríame aos seus pés.

—Polo demais –continuou Prudencia–, nunca a vin como agora: case non dorme, percorre os bailes, cea e ata se embebeda. Non hai moito tempo, despois dunha cea, ficou oito días na cama; e, en canto o médico lle deu permiso para erguerse, volveu andar na mesma aínda co risco de morrer. Vai ir vela?

—Para que? Vin vela a vostede, porque sempre foi moi amable comigo e coñecíaa antes de coñecer a Margarida. A vostede débolle ter sido o seu amante, como tamén lle debo non selo máis, non si?

—Abofé que si! Fixen todo o que puiden para que o abandonase, e creo que máis adiante non me gardará rancor por iso.

—Estoulle dobremente agradecido –engadín, erguéndome pois amolábame ver como esa muller tomaba en serio todo o que lle dicía.

—Vaise vostede?

—Si.

Xa sabía abondo.

—Cando o volveremos ver?

—Axiña. Adeus.

—Adeus.

Prudencia acompañoume ata a porta, e volvín á miña casa con lágrimas de rabia nos ollos e cun desexo de vinganza no corazón.

Así que, decididamente, Margarida era unha muller máis; así que aquel amor profundo que sentía por min non puidera loitar contra o desexo de volver á súa vida pasada e contra a necesidade de ter un coche e de organizar orxías.

Velaquí o que me dicía no medio dos meus insomnios; mentres que se reflexionase tan friamente como aparentaba viría naquela nova vida escandalosa de Margarida a esperanza de facer calar un pensamento continuo, unha lembranza incesante.

Por desgraza, dominábame unha paixón cega, e non procuraba máis que un medio para torturar aquela pobre criatura.

Oh, que pequeno é o home e que vil cando lle feren nalgunha das súas mesquiñas paixóns!

Aquela Olimpa con quen a vira era, se non amiga de Margarida, polo menos a que trataba máis a miúdo dende o seu regreso a París. Sabía que ía dar un baile, e como supoñía que Margarida asistiría, procurei o xeito de facerme cunha invitación e conseguina.

Cando, cheo das miñas dolorosas emocións, cheguei ao baile, xa había moita animación. Bailaban, berraban incluso, e, nun dos grupos, albisquei a Margarida bailando co conde de N..., o cal fachendeaba de ensinala e parecía que lle dicía a todo o mundo:

«Esta muller é miña!»

Púxenme a carón da cheminea, xustamente fronte de Margarida. Apenas me viu, púxose nerviosa. Vina e saudeina distraidamente coa man e cos ollos.

Cando pensaba que despois do baile non iría comigo, senón con aquel rico imbécil; cando me imaxinaba o que verdadeiramente seguiría ao volver a casa, o sangue subíame á cara e experimentaba a necesidade de interromper os seus amores.

Despois da contradanza fun saudar a dona da casa, que amosaba aos invitados uns ombros magníficos e a metade dunha dianteira resplandecente.

Aquela moza era fermosa, e, dende o punto de vista das formas, máis fermosa ca Margarida. Comprendino mellor aínda por certas olladas que lle botou a Olimpa mentres falaba con ela. O home que fose o amante daquela muller podería fachendear tanto coma o señor de N..., e ela era fermosa de abondo para inspirar unha paixón igual á que Margarida me inspirara a min.

Daquela Olimpa non tiña amante. Non me sería difícil chegar a selo. Todo dependía de amosar ouro de abondo para facerse mirar.

A miña decisión estaba tomada. Aquela muller sería a miña querida.

Comecei o meu papel de namorado bailando con Olimpa.

Media hora despois, Margarida, esbrancuxada coma unha morta, poñía o abrigo e abandonaba o baile.

XXIV

Xa era algo, mais non era de abondo. Comprendía o dominio que tiña sobre aquela muller e abusaba dela covardemente.

Cando penso que arestora está morta, pregunto eu se Deus me perdoará un día o mal que lle fixen.

Despois da cea, que foi do máis barullenta, puxémonos a xogar.

Sentei a carón de Olimpa e manexei os meus cartos con tanto atrevemento que non puiden impedir chamar a súa atención. Nun momento gañei cento cincuenta ou douscentos luíses, que puxen diante miña e que ela fitaba con ollos ardentes.

Era o único ao que o xogo non lle preocupaba absolutamente nada e que se ocupaba dela. Seguín gañando o resto da noite e fun eu quen lle dei cartos para xogar, pois ela perdeu todo o que tiña diante e probablemente na casa.

Ás cinco da mañá rematou a festa.

Ía gañando trescentos luíses.

Todos os xogadores estaban xa abaixo; só eu quedei atrás sen que se decatasen, pois non era amigo de ningún daqueles cabaleiros.

A mesma Olimpa iluminaba a escaleira; e xa ía baixar coma os outros, cando, volvéndome cara a ela, díxenlle:

—Cómpre que lle fale.

—Mañá –díxome.

—Non, agora.

—Que ten que dicirme?

—Xa o verá.

E volvín entrar no piso.

—Perdeu vostede –díxenlle.

—Si.

—Todo o que tiña na casa?

Dubidou.

—Sexa franca.

—Pois, si, é verdade.

—Eu gañei trescentos luíses: velaquí están, se me permite ficar aquí.

E ao mesmo tempo botei o ouro enriba da mesa.

—E por que esta proposición?

—Porque me gusta vostede, por Deus!

—Non; o que lle pasa é que vostede está namorado de Margarida e quere vingarse dela converténdose no meu amante. A unha muller coma min non se pode enganar, amigo meu. Por desgraza, son aínda demasiado nova e fermosa para aceptar o papel que me propón.

—Así que, négase vostede?

—Si.

—Prefire amarme por nada? Son eu quen non aceptaría entón. Reflexione, querida Olimpa; se lle enviase unha persoa calquera a ofrecerlle estes trescentos luíses da miña parte coas condicións que lle poño, aceptaría. Eu preferín tratar directamente con vostede. Acepte sen pretender pescudar as causas que me fan actuar así; pense que é fermosa e non hai nada de particular en que estea namorado de vostede.

Margarida era unha mantida coma Olimpa, e no entanto nunca me atrevería a dicirlle, a primeira vez que a vin, o que lle acababa de dicir a aquela muller. É que amaba a Margarida, é que adiviñara nela uns instintos que faltaban nestoutra criatura, e no mesmo momento en que lle propoñía aquel trato, malia a súa extrema beleza, non me agradaba.

Por suposto, acabou por aceptar, e ao mediodía saín da súa casa en calidade de amante; mais deixei o seu leito sen levar o recordo dos agarimos e das palabras de amor que ela se creu obrigada a prodigarme a cambio dos seis mil francos que lle deixaba.

E no entanto había quen se arruinara por aquela muller.

Desde aquel día fixen sufrir a Margarida unha persecución constante. Olimpa e mais ela deixaron de verse, e xa comprenderá doadamente por que. Agasallei á miña nova amante cun coche e xoias; xogaba; en fin, fixen todas as toleadas propias dun home namorado dunha muller como Olimpa. A nova da miña paixón estendeuse axiña.

Ata Prudencia se deixou enganar e rematou por crer que esquecera completamente a Margarida. Esta, sexa porque adiviñase o motivo que me impulsaba a obrar así, sexa porque se equivocase coma os demais, respondeu con gran dignidade ás ofensas que lle facía todos os días. Soamente que ela parecía sufrir; pois, cada vez que a atopaba, víaa máis pálida e máis triste.

O meu amor por ela, exaltado ata o punto de converterse en odio, alegrábase coa vista desta dor cotiá. Moitas veces, en circunstancias en que fun con ela dunha crueldade infame, Margarida dirixíame miradas tan suplicantes que me avergoñaba do papel que estaba facendo, e estiven a piques de pedirlle perdón.

Mais aqueles arrepentimentos tiñan a duración dun relustro, e Olimpa, que acabara por deixar de lado toda clase de amor propio e por comprender que facéndolle dano a Margarida obtería de min todo o que quixese, encirrábame deseguido contra ela e insultábaa sempre que se lle presentaba a ocasión, con esa persistencia covarde da muller autorizada por un home.

Margarida acabou por non ir máis ao baile nin ao teatro, por temor a atoparse con Olimpa e comigo.

Entón as cartas anónimas sucederon ás impertinencias directas, e non había algunha cousa vergonzosa sobre Margarida que non animase eu a contar á miña querida ou que non contase eu mesmo.

Cómpre estar tolo para chegar ata aquí. Estaba coma un home que, téndose embebedado cun viño malo, cae nunha desas exaltacións nerviosas en que a man é quen de cometer un crime sen que o pensamento interveña para nada. No medio de todo aquilo, sufría un martirio. A calma sen desdén, a dignidade sen desprezo con que Margarida respondía a todos os meus ataques, e que aos meus ollos a facían superior a min, enfurecíanme aínda máis contra ela.

Unha noite, Olimpa non sei a onde foi e atopouse alí con Margarida, aquela vez fíxolle fronte á parva moza que a insultaba, ata o punto que esta viuse obrigada a ceder. Olimpa volveu furiosa e a Margarida levarana desvanecida

Ao volver, Olimpa contoume o que pasara, díxome que Margarida, ao vela soa, quixo vingarse de que fose a miña querida, e que tiña que lle escribir dicíndolle que respectase a muller que amaba, estivese presente ou non.

Non teño necesidade de dicirlle que consentín, e que todo o que puiden achar de amargo, de vergonzoso e de cruel púxeno nunha carta que enviei ao seu enderezo o mesmo día.

Esta vez o golpe fora forte de máis para que a desgraciada aturase sen dicir nada.

Non dubidaba de que me chegaría unha resposta; así que decidín non saír da miña casa en todo o día.

Preto das dúas chamaron, e vin entrar a Prudencia.

Intentei adoptar un aire indiferente para preguntarlle a que debía o honor da súa visita; mais aquel día a señora Duvernoy non estaba risoña e, nun ton seriamente emocionado, díxome que dende o meu regreso, é dicir, dende había tres semanas, non deixara pasar ocasión para aldraxar a Margarida; que estaba doente, e que a escena do día anterior e a miña carta de pola mañá obrigárana a gardar cama.

Nunha palabra, e sen reprocharme nada, Margarida solicitaba o meu perdón, facéndome comprender con aquel recado que lle faltaban as forzas morais e físicas para aturar o que lle facía.

—Que a señorita Gautier –díxenlle a Prudencia– me despida da súa casa non o discuto, está no seu dereito; mais que insulte a unha muller que amo, non o permitirei xamais.

—Amigo meu –díxome Prudencia–, está baixo a influencia dunha moza sen corazón nin entendemento; é verdade que está namorado dela, pero esa non é unha razón para andar martirizando a unha muller que non se pode defender.

—Que a señorita Gautier me envíe o seu conde de N... e quedará igual a partida.

—Sabe ben que non o fará. Así que, querido Armando, déixea tranquila; se a vise, daríalle vergonza do xeito que se comporta con ela. Está pálida, tose, e xa non vivirá moito tempo.

E Prudencia deume a man, engadindo:

—Vaia vela, a súa visita faraa moi feliz.

—Non teño ganas de atoparme co señor de N...

—O señor de N... non está nunca na casa. Non o atura.

—Se a Margarida lle interesa verme, xa sabe onde vivo; que veña, mais eu non porei os pés na rúa Antin.

—E recibiraa ben?

—Abofé que si.

—Pois ben, estou segura de que ha vir.

—Que veña.

—Vai saír hoxe?

—Estarei na casa toda a noite.

—Voullo dicir.

Prudencia marchou.

Nin sequera lle escribín a Olimpa que non a iría ver. Non me molestaba por aquela moza. Apenas pasaba con ela unha noite por semana. Creo que se consolaba cun actor de non sei que teatro do bulevar.

Saín a cear e voltei decontado. Mandei acender lume en todas partes e díxenlle a Xosé que marchase.

Non lle podería dar conta das diversas impresións que me desacougaron durante a hora de espera; mais, cando cara ás nove oín chamar, resumíronse nunha emoción tal, que ao abrir a porta vinme obrigado a apoiarme na parede para non caer.

Afortunadamente, o recibidor estaba a medio alumear, e a alteración do meu rostro era menos visible.

Margarida entrou.

Ía toda de negro e con veo. Apenas recoñecín o seu rostro baixo o encaixe.

Pasou ao salón e levantou o veo.

Estaba pálida coma o mármore.

—Velaquí estou, Armando –dixo–; quería verme e vin.

E, deixando caer a cabeza entre as súas mans, prorrompeu en saloucos.

Achegueime a ela.

—Que lle pasa? –pregunteille coa voz alterada.

Apertoume a man sen responderme, pois as bágoas velaban a súa voz. Mais un intre despois, estando xa un pouco calmada, díxome:

—Fíxome moito dano, Armando, e eu non lle fixen nada.

—Nada? –repliquei cun amargo sorriso.

—Nada que as circunstancias non me obrigasen facer.

Non sei se en toda a súa vida terá experimentado, ou se algunha vez experimentará o que sentía ao ver a Margarida.

A última vez que veu á miña casa sentou no mesmo sitio onde acababa de sentar, coa diferenza de que dende aquela fora a querida doutro; outros beizos distintos dos meus tocaran os seus, cara aos cales sen querer tendían os meus, e no entanto sentía que a amaba tanto ou quizais máis ca nunca.

Non obstante, resultábame difícil comezar a conversa sobre o asunto que a traía; Margarida comprendeuno sen dúbida, pois continuou:

—Veño molestalo, Armando, porque teño dúas cousas que pedirlle: perdón polo que lle dixen onte a Olimpa, e graza para o que quizais está disposto a facerme aínda. Voluntariamente ou non, dende o seu regreso, fíxome tanto dano, que sería incapaz agora de aturar a cuarta parte das emocións que ata agora sufrín. Terá piedade de min, non si?; e comprenderá que para un home de corazón hai cousas máis nobres que facer que vingarse dunha muller enferma e triste coma min. Mire, colla a miña man. Teño febre, erguinme para vir pedirlle non a súa amizade, senón a súa indiferenza.

En efecto, collín a man de Margarida. Estaba queimando, e a pobre muller aterecía baixo o seu abrigo de veludo.

Acheguei preto do lume a cadeira de brazos na que estaba sentada.

—Cre que eu non sufrín –díxenlle– a noite en que, despois de tela agardado no campo, vin buscala a París, onde non atopei máis que aquela carta que estivo a piques de volverme tolo? Como puido enganarme, Margarida, a min, que tanto a amaba?

—Non falemos diso, Armando; non vin para falar diso, senón para facer as paces, iso é todo; e quixen apertarlle unha vez máis a man. Ten unha querida nova, fermosa, que quere, segundo din; sexa feliz con ela e esquézame.

—E vostede? Sen dúbida é feliz.

—Teño a cara dunha muller feliz, Armando? Non se burle da miña dor, sabe mellor ca ninguén cal é a súa causa e o seu alcance.

—Só dependía de vostede non ser xamais desgraciada, se é que o é como di.

—Non, amigo meu, as circunstancias foron máis fortes cá miña vontade. Obedecín, non os meus instintos de muller ceibe, como parece dicir, senón a unha necesidade seria e a razóns que saberá algún día e que farán entón que me perdoe.

—Por que non me di esas razóns hoxe?

—Porque non restablecerían un achegamento, imposible entre nosoutros, e quizais o afastarían das persoas de quen non debe afastarse.

—Quen son esas persoas?

—Non llo podo dicir.

—Daquela, mente.

Margarida ergueuse e dirixiuse cara á porta.

Non podía presenciar esta muda e expresiva dor sen sentirme emocionado cando comparaba interiormente aquela muller pálida e chorosa coa moza atoleirada que se burlara de min na Ópera-Cómica.

—Non se irá –díxenlle, poñéndome diante da porta.

—Por que?

—Porque, malia todo o que me fixeches, sigo amándote e quero que fiques aquí.

—Para botarme mañá, non si? Non, é imposible! Os nosos destinos están afastados: non intentemos unilos de novo. Quizais me desprezaría, mentres que agora só pode odiarme.

—Non, Margarida –díxenlle, sentindo que todo o meu amor e todos os meus desexos se espertaban en contacto con aquela muller–. Non, esquecereino todo e seremos tan felices como prometeramos selo.

Margarida moveu a cabeza en sinal de dúbida, e dixo:

—Non son a súa escrava, o seu can? Faga comigo o que queira; tómeme, son súa.

E, quitando o abrigo e o sombreiro, botounos enriba do sofá e comezou a desabotoar de súpeto o corpiño do seu vestido, pois, por unha desas reaccións tan frecuentes da súa enfermidade, o sangue subíalle do corazón á cabeza e afogábaa.

Seguiu unha tose seca e rouca.

—Mande dicir ao meu cocheiro –proseguiu– que leve o coche.

Baixei eu mesmo a despedir aquel home.

Cando entrei, Margarida estaba deitada diante do lume e os seus dentes batían co frío.

Collina nos brazos, espina sen que fixese un movemento e leveina completamente conxelada ao meu leito.

Entón sentei ao seu carón e intentei facela entrar en calor cos meus agarimos. Non dicía unha palabra, mais sorría.

Oh, foi aquela unha noite estraña! Toda a vida de Margarida parecía terse concentrado nos bicos con que me cubría, e amábaa tanto, que, en medio dos arrebatos do seu amor ardente, preguntábame se non a ía matar para que non pertencese xamais a outro home.

Un mes de amor como aquela e, tanto de corpo coma de corazón, un non sería máis que un cadáver.

O día sorprendeunos espertos aos dous.

Margarida estaba lívida. Non dicía nada. Grosas bágoas esvaraban de cando en vez dos seus ollos e detíñanse nas súas meixelas brillando coma diamantes. Os seus brazos esgotados abríanse ás veces para abrazarme, e volvían caer sen forza enriba do leito.

Por un momento crin que podería esquecer o que ocorrera dende que marchara de Bougival, e díxenlle a Margarida:

—Queres que nos vaiamos, que deixemos París?

—Non, non –contestoume case con medo–; seriamos moi desgraciados; xa non podo contribuír moito á túa felicidade, mais mentres me quede un sopro de vida serei a escrava dos teus caprichos. A calquera hora do día ou da noite que me desexes, vén e serei túa; mais non asocies máis o teu porvir co meu, serías moi desgraciado e faríasme moi infeliz. Aínda serei por moito tempo unha moza fermosa: aprovéitate, mais non me pidas outra cousa.

Cando marchou, quedei amedrentado ao ver a soidade na que me deixaba. Dúas horas despois de que se fose aínda estaba sentado no leito que ela acababa de abandonar, ollando a almofada que conservaba os pregamentos da súa forma e preguntándome que sería de min entre o meu amor e os meus celos.

Ás cinco, sen saber o que ía facer, fun á rúa Antin.

Abriume Nanine.

A señora non o pode recibir –díxome, con certo apuro.

—Por que?

—Porque o señor conde de N... está aquí, e dixo que non deixe entrar a ninguén.

—É verdade –besbellei–, esquecérao.

Volvín á miña casa coma un bébedo, e sabe vostede o que fixen durante o minuto de celos que foi de abondo para a acción vergoñosa que ía cometer? Non sabe o que fixen? Dixen para min que aquela muller estábase a mofar de min, imaxinábaa a soas co conde, repetíndolle as mesmas palabras que me dixera pola noite, e, collendo un billete de cincocentos francos, envieillo con estas palabras:

«Marchou vostede tan de présa esta mañá que esquecín pagarlle. Velaquí o prezo da súa noite».

Despois, cando enviei a carta, saín como para fuxir dos remorsos inmediatos daquela infamia.

Fun a casa de Olimpa, atopeina probando uns vestidos, e, en canto estivemos sós, contoume obscenidades para distraerme.

Era o tipo perfecto de cortesá desvergonzada, sen corazón e sen entendemento, polo menos para min, para outro home quizais fose a súa ilusión, como o foi Margarida para min.

Pediume cartos, deillos e, libre entón de marchar, volvín á miña casa.

Margarida non me respondera.

É inútil que lle diga en que estado de desacougo pasei o día seguinte.

Ás seis e media un mandadeiro trouxo un sobre que contiña a miña carta e o billete de cincocentos francos: nin unha palabra máis.

—Quen lle entregou isto?

—Unha dama que subiu coa súa doncela no correo de Boulogne e que me encargou que non lla trouxese ata que o coche estivese fóra do patio.

Corrín a casa de Margarida.

—A señora marchou hoxe a Inglaterra, ás seis –respondeume o porteiro.

Nada me retiña xa en París, nin amor nin odio. Estaba esgotado por todas aquelas emocións. Un dos meus amigos ía facer unha viaxe a Oriente; funlle dicir a meu pai que desexaba acompañalo; meu pai deume unha tarxeta de crédito e recomendacións, e oito ou dez días despois embarquei en Marsella.

Foi en Alexandría onde souben por un agregado da embaixada, a quen vira algunha vez na casa de Margarida, da enfermidade da pobre moza.

Escribinlle entón a carta, cuxa contestación coñece vostede, e que recibín en Toulon.

Marchei axiña e vostede sabe o resto.

Agora xa non me queda máis que ler as poucas follas que Xulia Duprat me enviou e que son o complemento indispensable do que acabo de contarlle.

XXV

Armando, esgotado con este longo relato, a miúdo interrompido polas súas bágoas, levou as dúas mans á fronte e pechou os ollos, xa fose para pensar ou xa para intentar durmir, despois de darme as páxinas escritas da propia man de Margarida.

Un intre despois unha respiración un pouco máis rápida indicábame que Armando durmía, mais con ese sono lixeiro que o menor ruído fai desaparecer.

Velaquí o que lin e que transcribo sen engadir nin quitar palabra:

«Hoxe estamos a quince de decembro. Fai tres ou catro días que non me sinto ben. Esta mañá quedei na cama; o tempo é sombrío, estou triste; non teño ninguén ao meu carón e penso en vostede, Armando. E vostede, onde está no momento en que escribiu estas liñas? Dixéronme que lonxe de París, moi lonxe, e quizais xa esquecese a Margarida. En fin, que sexa feliz, a quen lle debo os únicos momentos de ledicia da miña vida.

Non puiden resistir a tentación de darlle unha explicación da miña conduta, e escribinlle unha carta, mais, escrita por unha muller coma min, semellante carta pode ser considerada unha mentira, a non ser que a morte a santifique coa súa autoridade e que no canto de ser unha carta sexa unha confesión.

Hoxe estou enferma; podo morrer desta enfermidade, pois sempre tiven o presentimento de morrer nova. A miña nai morreu do peito, e o meu xeito de vivir ata o presente non fixo máis que empeorar esta afección, a única herdanza que me deixou; mais non quero morrer sen que saiba a que aterse respecto a min, se é que, cando volva, aínda se preocupa pola pobre muller a quen tanto amaba antes de marchar.

Velaquí o que contiña aquela carta, que me sentiría feliz de volver escribir para darme unha nova proba da miña xustificación:

Lembrará, Armando, como a chegada de seu pai nos sorprendeu en Bougival; lembrarase do terror involuntario que aquela chegada me causou, da escena que tivo lugar entre vostede e el e que despois me contou pola noite.

Ao día seguinte, mentres estaba vostede en París agardando por seu pai, que non volvía, un home presentouse na miña casa e entregoume unha carta do señor Duval.

Aquela carta, que achego con esta, pregábame nos termos máis graves que o afastase de min ao día seguinte con calquera pretexto e que recibira a seu pai; tiña que falarme e recomendábame, sobre todo, que non lle dixese a vostede nada da súa petición.

Xa sabe con que insistencia lle aconsellei a súa volta, que fose outra vez a París ao día seguinte.

Había un hora que marchara vostede, cando se presentou seu pai. Paso por alto contarlle a impresión que o seu rostro severo me causou. Seu pai estaba imbuído das vagas teorías que pretenden que toda cortesá sexa un ser sen corazón, sen razón, unha especie de máquina de gañar diñeiro, sempre disposta, coma as máquinas de ferro, a triturar a man que lle tende algo e a estragar sen piedade, sen discernimento, ao que a fai vivir e actuar.

Seu pai escribiume unha carta moi correcta para que accedese a recibilo; non se presentou, en absoluto, como a súa carta facía esperar. Houbo bastante arrogancia, impertinencia e mesmo ameazas nas súas primeiras palabras, para que eu lle fixese comprender que estaba na miña casa e que non tiña que renderlle contas da miña vida a non ser polo sincero afecto que sentía polo seu fillo.

O señor Duval calmouse un pouco, e con todo púxose a dicirme que non podía sufrir por máis tempo que o seu fillo se arruinase por min; que era fermosa, era verdade, mais por moi fermosa que fose non debía servirme da miña beleza para botar a perder o porvir dun home novo con gastos como os que eu tiña.

A iso non tiña máis que responder unha cousa: non é así?, e amosar as probas de que dende que era a súa querida non me custara ningún sacrificio serlle fiel, sen pedirlle máis cartos do que me puidese dar.

Amoseille os xustificantes do Monte de Piedade, os recibos das persoas a quen vendera os obxectos que non puidera empeñar e comuniqueille a seu pai a miña decisión de desfacerme do meu mobiliario para pagar as miñas débedas e para vivir con vostede sen serlle unha carga demasiada pesada. Conteille a nosa felicidade, a revelación que vostede me fixera dunha vida máis tranquila e máis ditosa, e rematou por renderse á evidencia e por darme a man, pedíndome perdón polo xeito de presentarse ao principio.

Despois díxome:

«Entón, señora, non será con represións nin con ameazas, senón con suplicas como intentarei obter de vostede un sacrificio máis grande ca todos os que ata agora fixo polo meu fillo».

Tremín ante aquel preámbulo.

Seu pai achegouse a min, colleume as mans e continuou en ton afectuoso:

«Miña filla, non me tome a mal o que lle vou dicir, comprenda soamente que a vida ten ás veces necesidades crueis para o corazón, mais ás que hai que someterse. Vostede é boa e na súa alma hai xenerosidades descoñecidas para moitas mulleres que quizais a desprezan e non valen o que vostede. Mais pense que ademais da querida está a familia; que á parte do amor están os deberes; que á idade das paixóns sucede a idade en que o home, para ser respectado, necesita estar solidamente asentado nunha posición seria. O meu fillo non ten fortuna, e no entanto está disposto a cederlle a herdanza da súa nai. Se el aceptase de vostede o sacrificio que está a piques de facer, sería para el un motivo de honor e dignidade o facerlle a vostede a cambio esa cesión que a poría para sempre ao abeiro dunha adversidade completa. Mais el non pode aceptar ese sacrificio, porque a xente, que non a coñece, atribuiríalle a ese consentimento unha causa deshonrosa que non debe atinxir o nome que levamos. Non mirarían se Armando a quere nin se vostede o quere, se ese dobre amor é unha felicidade para el e unha rehabilitación para vostede; non verían máis que unha cousa: que Armando Duval consentiu que unha moza perdida, e perdóeme, miña filla, o que me vexo obrigado a dicirlle, vendera para el todo o que posuía. Despois chegaría o día dos reproches e dos pesares, pode estar segura, para vostede como para os demais, e os dous arrastrarían unha cadea que non poderían romper. Que farían entón? A súa xuventude estaría perdida, o porvir do meu fillo estaría estragado, e eu, seu pai, non obtería máis que dun dos meus fillos a recompensa que agardaba dos dous.

Vostede é nova e fermosa, a vida consolaraa; é nobre e o recordo dunha boa acción redimiraa de moitas cousas pasadas. Dende hai seis meses que Armando a coñece, tenme esquecido. Escribinlle catro veces, sen que considerase nin unha soa vez responderme. Podería morrer sen que el o soubese!

Calquera que sexa a súa decisión de vivir dun xeito distinto a como viviu ata agora, Armando, que a quere, non se resignará á reclusión a que a condenará a súa modesta posición e que non está feita para a súa beleza. Quen sabe o que faría entón? Sei que xogou; sei que non lle dixo nada, mais nun momento de arroutada podería perder unha parte do que fun reunindo dende hai moitos años para o dote da miña filla, para el e para a tranquilidade dos meus días de vellez. O que non ocorreu, pode ocorrer aínda.

Ademais, está segura de que a vida que abandona por el non volverá atraela de novo? Está segura, vostede que amou, de non amar nunca a outro? E, en fin, non sufrirá vostede cos atrancos que a súa unión porá á vida do seu amante, dos que quizais non poida consolalo, se, coa idade, aos soños de amor suceden ideas de ambición? Reflexione en todo isto, señora; vostede que quere a Armando, demóstrello co único medio que aínda lle queda de demostrarllo: sacrificando o seu amor polo seu porvir. Aínda non sucedeu ningunha desgraza, mais chegará, e quizais maior do que albisco. Armando pode sentir celos dalgún home que a amase; pode provocalo, pode baterse, pode morrer, en fin, pense o que sufriría vostede ante este pai que lle pediría contas da vida do seu fillo.

En fin, miña filla, sáibao todo, pois aínda non lle dixen todo; saiba, pois, o que me trouxo a París. Acabo de dicirlle que teño unha filla, moza, fermosa, pura coma un anxo. Tamén ela ama e quere facer dese amor o soño da súa vida. Escribinlle todo isto a Armando, mais estaba tan ocupado con vostede, que non me contestou. Pois ben, a miña filla vai casar. Casa co home que quere e entra nunha familia honorable que quere que todo sexa honorable na miña. A familia do home, que será o meu xenro, soubo da vida que Armando leva en París e aseguráronme que retirará a súa palabra se Armando segue con esa vida. Nas súas mans está o porvir dunha moza que non lle fixo nada e que ten o dereito de ter esperanza nun futuro.

Pode e séntese con forzas para estragalo? En nome do seu amor e do seu arrepentimento, Margarida, concédame a felicidade da miña filla».

Eu choraba silandeiramente, amigo meu, ante todas aquelas reflexións que tantas veces fixera e que, na boca de seu pai, adquirían unha realidade máis palpable aínda. Botábame en cara todo o que seu pai non se atrevía a dicirme e que varias veces me viñera á boca: que despois de todo eu non era máis que unha muller mantida e que calquera razón que dese á nosa unión, sempre semellaría un cálculo; que a miña vida pasada non me daba ningún dereito a soñar cun porvir parecido e que aceptaba responsabilidades que polos meus costumes e a miña reputación non ofrecían ningunha garantía. En fin, eu amábao, Armando. O xeito paternal de falarme o señor Duval, os castos sentimentos que evocaba en min, a estima daquel ancián honrado que ía conquistar, a súa, que estaba segura de ter máis tarde, todo iso espertou no meu corazón nobres pensamentos que me engrandecían aos meus propios ollos e me facían pensar en santas vaidades, descoñecidas ata entón. Cando pensaba que algún día aquel ancián, que me imploraba polo porvir do seu fillo, lle diría á súa filla que engadise o meu nome ás súas oracións, como o nome dunha misteriosa amiga, transformábame e sentíame orgullosa de min mesma.

A exaltación do momento esaxeraba quizais a verdade daquelas impresións; mais iso é o que eu experimentaba, amigo, e aqueles novos sentimentos facían calar os consellos que me daban as lembranzas dos días felices pasados con vostede.

—Está ben, señor –díxenlle a seu pai, enxugando as bágoas–. Cre vostede que amo ao seu fillo?

—Si –díxome o señor Duval.

—Cun amor desinteresado?

—Si.

—Cre que fixera dese amor a esperanza, o soño e o perdón da miña vida?

—Madía leva!

—Pois ben, señor, bíqueme unha vez como bicaría a súa filla, e xúrolle que ese bico, o único verdadeiramente casto que recibirei, farame forte contra o meu amor, e que antes de oito días o seu fillo volverá con vostede, quizais desgraciado por algún tempo, mais curado para sempre.

—É vostede unha moza nobre –replicou seu pai bicándome na fronte–, e intenta algo que Deus lle terá en conta, mais moito me temo que non obterá nada do meu fillo.

—Oh!, estea tranquilo, señor: odiarame.

Facía falla erguer entre nosoutros unha barreira infranqueable, tanto para un coma para o outro.

Escribinlle a Prudencia que aceptaba as proposicións do conde de N..., e que fose dicirlle que cearía con ela e con el. Pechei a carta e, sen dicirlle o que contiña, rogueille a seu pai que a fixese chegar ao enderezo posto en canto chegase a París.

No entanto, preguntoume o que contiña.

—É a felicidade do seu fillo –respondinlle.

Seu pai bicoume por última vez. Sentín na miña fronte dúas bágoas de agradecemento, que foron como o bautismo das miñas faltas doutrora e, no intre en que acababa de consentir en entregarme a outro home estaba moi orgullosa ao pensar no que redimía con aquela nova falta.

Era moi natural, Armando; vostede dixérame que seu pai era o home máis honrado que un se podía atopar.

O señor Duval subiu ao coche e marchou.

No entanto, son muller e, cando o volvín ver, non puiden evitar chorar, mais non fun feble.

Fixen ben? Velaquí o que me pregunto hoxe que estou enferma nun leito que quizais non abandonarei, senón morta.

Vostede foi testemuña do que experimentaba a medida que a hora da nosa inevitable separación se achegaba; seu pai xa non estaba alí para apoiarme, e houbo un momento en que estiven a piques de confesarllo todo, xa que me atemorizaba tanto a idea de que me chegase a odiar e a desprezar.

Unha cousa que non crerá, quizais, Armando, é que rogaba a Deus que me dese forza, e a proba de que aceptou o meu sacrificio é que me forneceu con esa forza que imploraba.

Aínda necesitei axuda naquela cea, pois non quería saber o que ía facer, xa que temía que me chegase a faltar valor!

Quen me diría a min, Margarida Gautier, que chegaría a sufrir tanto ante a soa idea de ter un novo amante?

Bebín para esquecer e, cando acordei ao día seguinte, estaba no leito do conde.

Esta é toda a verdade, amigo; xúlgueme e perdóeme, como eu lle perdoei todo o dano que me fixo dende aquel día».

XXVI

«O que seguiu a aquela noite fatal sábeo vostede tan ben coma min, mais o que non sabe, o que non pode sospeitar é o que sufrín dende a nosa separación.

Souben que seu pai o levara consigo, mais figurábame que non podería vivir moito tempo lonxe de min, e, o día que o atopei nos Campos Elisios, emocioneime, mais non me sorprendín.

Entón comezou aquela serie de días, onde cada un me traía un novo insulto seu, insulto que recibía case con ledicia, pois, á parte de que era a proba de que me seguía amando aínda, parecíame que canto máis me enfastiase máis crecería aos seus ollos o día que soubese a verdade.

Non se estrañe deste martirio gozoso, Armando; o amor que vostede sentiu por min abriu o meu corazón a nobres entusiasmos.

No entanto, non conseguín tan axiña ser tan forte.

Entre a realización do sacrificio que fixen por vostede e a súa volta pasou bastante tempo, durante o cal necesitei recorrer a medios físicos para non volverme tola e para non aloularme no medio da vida á que me botara. Non lle dixo Prudencia que ía a todas as festas, a todos os bailes, a todas as orxías?

Tiña unha especie de esperanza de matarme axiña a forza de excesos, e creo que esta esperanza non tardará en realizarse. A miña saúde alterouse necesariamente cada vez máis, e o día que enviei a señora Duvernoy a pedirlle clemencia estaba esgotada de corpo e alma.

Non lle lembrarei, Armando, de que xeito me recompensou a última proba de amor que lle dei e con que aldraxe expulsou de París a muller que, morrendo, non puido resistirse á súa voz cando lle pediu unha noite de amor, e que, como unha insensata, creu por un intre que podería volver unir o pasado e o presente. Tiña dereito a facerme o que me fixo, Armando. Nunca me pagaron tan caras as miñas noites!

Entón deixeino todo! Olimpa substituíume co conde de N..., e encargouse, segundo me dixeron, de comunicarlle o motivo da miña partida. O conde de G... estaba en Londres. É un deses homes que, non dando aos amores que teñen con mulleres coma min máis que a importancia xusta para que sexa un pasatempo agradable, seguen sendo amigos das mulleres que tiveron, e non senten odio, pois non coñeceron xamais os celos; en fin, é un deses grandes señores que só nos abren un costado do seu corazón, mais ábrennos os dous lados do seu peto. Pensei dende logo nel. Fun na súa procura. Recibiume moi ben, mais alí era o amante dunha muller do gran mundo e temía comprometerse facéndose ver comigo. Presentoume os seus amigos, que me ofreceron unha cea, despois da cal marchei cun deles.

Que quería que fixese, meu amigo?

Matarme? Iso sería cargar a súa vida, que debe ser feliz, cun remorso inútil; e ben mirado, a que conduciría matarse cando se está tan preto da morte?

Pasei ao estado de corpo sen alma, de cousa sen pensamento; vivín durante algún tempo aquela vida automática, despois volvín a París e preguntei por vostede; entón informáronme que emprendera unha longa viaxe. Nada me sostiña xa. A miña existencia volveu converterse no que era dous anos antes de que o coñecera.

Intentei atraer o duque, mais ferira moi duramente aquel home, e os vellos non son pacientes; sen dúbida, porque se decatan de que non son eternos. A enfermidade apropiábase de min día a día, estaba pálida, estaba triste e estaba cada vez máis delgada. Os homes que mercan o amor examinan a mercadoría antes de tomala. Había en París mulleres con mellor saúde e máis carnes ca min; esquecéronme un pouco. Velaí o pasado ata onte.

Agora estou enferma de verdade. Escribinlle ao duque pedíndolle cartos, pois non os teño, e os acredores volveron e tráenme as facturas cun asañamento desapiadado. Contestarame o duque? Que mágoa que non estea en París, Armando! Viría verme e as súas visitas consolaríanme».

20 de decembro

«Vai un tempo horrible, neva, estou soa na miña casa. Levo tres días con tanta febre que non lle puiden escribir nin unha palabra. Non hai nada de novo, amigo meu; todos os días agardo vagamente unha carta súa, mais non chega, e, sen dúbida, non chegará xamais. Só os homes teñen coraxe de abondo para non perdoar. O duque non me contestou.

Prudencia comezou de novo coas súas viaxes ao Monte de Piedade.

Non deixo de cuspir sangue. Oh, daríalle mágoa verme! Ten vostede boa sorte de poder gozar dun clima temperado e non ter coma min todo un inverno de xeo pesando sobre o meu peito.

Hoxe erguinme un pouco e, tras as cortinas da miña ventá, vin pasar esa vida de París coa que agora si creo terme desvencellado definitivamente. Algunhas caras coñecidas pasaron pola rúa, apuradas, alegres e indiferentes. Nin unha levantou a mirada cara ás miñas ventás. Non obstante, viñeron algúns mozos e deixaron o seu nome. Xa estiven enferma outra vez, e vostede, sen coñecerme, sen ter obtido de min máis que unha impertinencia o día en que o vin por primeira vez, veu saber novas miñas todas as mañás. Velaquí estou doente de novo. Pasamos seis meses xuntos. Sentín por vostede todo o amor que o corazón dunha muller é capaz de conter e ofrecer, e vostede está lonxe, maldíceme e non me chega nin unha palabra súa de consolo. Mais estou segura de que só o azar é o causante deste abandono, pois, se estivese en París, non se afastaría da cabeceira da miña cama nin sairía do meu cuarto».

25 de decembro

«O médico prohíbeme escribir todos os días. En efecto, as miñas lembranzas non fan máis que aumentar a febre, mais onte recibín unha carta que me fixo moito ben, máis polos sentimentos expresados que polo socorro material que me traía. Así que hoxe podo escribirlle. A carta era de seu pai, e velaquí o que dicía:

«Señora

Acabo de saber que está vostede enferma. Se estivese en París, iría persoalmente a saber novas súas; se o meu fillo estivese preto de min, diríalle que fose preguntar por vostede; mais eu non podo abandonar C..., e Armando atópase a seiscentas ou setecentas leguas de aquí; así pois, permítame, señora, que me limite simplemente a escribirlle para dicirlle canto me apesara a súa enfermidade, e créame os meus sinceros desexos para que se poña axiña ben.

Un dos meus bos amigos, o señor H..., irá á súa casa; prégolle que o reciba. Mandeille un encargo, cuxo resultado agardo con impaciencia.

Reciba, señora, os meus respectos e os meus saúdos.»

Esta é a carta que recibín. Seu pai ten un corazón nobre; quéirao ben, amigo meu; pois hai poucos homes no mundo tan dignos de ser amados. Este papel asinado co seu nome fíxome máis ben ca todas as receitas do noso ilustre médico.

Esta mañá veu o señor H... Parecía moi incomodo coa delicada misión que lle encargara o señor Duval. Viña sinxelamente a traerme mil escudos de parte de seu pai. Quixen rexeitalos nun principio, mais o señor H... díxome que esa negativa ofendería ao señor Duval, que o autorizara a darme agora esa cantidade e a enviarme todo o que me fixese falla de aquí en adiante. Aceptei ese favor que, procedendo de seu pai, non pode considerarse unha esmola. Se xa morrín cando volva, amóselle a seu pai o que lle remato de escribir para el e dígalle que, ao trazar estas liñas, a pobre moza á que se dignou escribir esta animosa carta vertía bágoas de gratitude e pregaba a Deus por el».

4 de xaneiro

«Acabo de pasar uns días moi dolorosos. Non sabía que o corpo puidese facernos sufrir tanto. Oh, miña vida pasada! Hoxe estou pagándoas todas xuntas.

Veláronme todas as noites. E non podía apenas respirar. O delirio e a tose repartíanse o resto da miña pobre existencia.

O meu comedor está cheo de bombóns, de agasallos de toda clase, que me trouxeron os meus amigos. Entre eles hai algún, sen dúbida, que agarda que máis tarde serei a súa querida. Se visen o que a enfermidade fixo de min, fuxirían abraiados.

Prudencia fai regalos cos que eu recibo.

É a época de xeadas, e o doutor díxome que podería saír de aquí a uns días se continúa o bo tempo».

8 de xaneiro

«Onte saín no meu coche. Ía un tempo magnífico. Os Campos Elisios estaban cheos de xente. Parecía o primeiro sorriso da primavera. Ao meu arredor todo tiña un aspecto festivo. Nunca sospeitei que nunha raiola de sol puidese haber tanta ledicia, dozura e consolo como encontrei onte.

Atopei a case todas as persoas que coñezo, sempre ledas, sempre ocupadas cos seus praceres. Canta xente feliz que non sabe que o é! Olimpa pasou nun elegante coche que lle regalou o señor de N... Intentou insultarme coa mirada. Non sabe o afastada que me atopo de todas esas vaidades. Un bo mozo que coñezo dende hai moito tempo preguntoume se quería cear con el e cun amigo seu, que desexaba moito, dicía el, coñecerme.

Sorrín tristemente e tendinlle a miña man ardente de febre.

Nunca vin cara máis asombrada.

Volvín ás catro e comín con bastante apetito.

Esta saída sentoume ben.

Se me curase!

É sorprendente como o aspecto da vida e a felicidade dos demais fai que lle entren desexos de vivir ao que a véspera, na soidade da súa alma e na penumbra do seu cuarto de doente, desexaba morrer axiña?».

10 de xaneiro

«Esa esperanza de recobrar a saúde non era máis que un soño. Velaquí estou de novo no meu leito, co corpo cuberto de emplastos que me queiman. Se intentase ofrecer este corpo que pagaban tan caro outras veces, que pouco darían por el hoxe!

Cómpre que fagamos moito mal antes de nacer, ou que vaiamos gozar dunha gran felicidade despois da morte, para que Deus permita que nesta vida se dean todas as torturas da expiación e todas as dores da proba».

12 de xaneiro

«Sigo sufrindo.

O conde de N... envioume cartos onte, e non os aceptei. Non quero nada dese home. El ten a culpa de que non estea ao meu carón.

Oh! U-los nosos fermosos días en Bougival?

Se saio viva deste cuarto será para facerlle unha visita á casa na que vivimos xuntos; mais non sairei de aquí máis que morta.

Quen sabe se poderei escribirlle mañá?».

25 de xaneiro

«Levo once noites sen durmir, afogando e a cada intre creo que vou morrer. O médico ordenou que non me deixen coller unha pluma. Xulia Duprat, que me vela, aínda me permitiu que lle escriba estas poucas liñas. É que non volverá vostede antes de que morra? Rematou todo definitivamente entre nosoutros? Paréceme que, se viñese, sandaría. Para que curar?».

28 de xaneiro

Esta mañá espertoume un gran barullo. Xulia, que durmía no meu cuarto, correu ao comedor. Oín voces de homes contra as que a súa loitaba en van. Volveu chorando.

Viñan a embargarme. Díxenlle que lles deixase facer o que eles chaman xustiza. O alguacil entrou no meu cuarto sen quitar o sombreiro. Abriu os caixóns, tomou nota de todo o que viu, e non reparou, pola contra, en que había unha moribunda no leito que, afortunadamente, a caridade da lei me concede.

Ao marchar consentiu en dicirme que podía interpoñer un recurso antes de nove días, mais deixou un gardián! Deus meu, que vai ser de min ? Esta escena empeoroume. Prudencia queríalle pedir cartos ao amigo de seu pai, mais opúxenme.

Recibín esta mañá a súa carta. Facíame falla. Chegaralle a tempo a miña contestación? Volverá verme aínda? É este un día feliz que me fai esquecer todos os que pasei dende hai seis semanas. Paréceme que estou mellor, malia o sentimento de tristura baixo cuxa impresión lle contestei.

Despois de todo, non sempre imos ser desgraciados.

Cando penso que pode ocorrer se non morro, que vostede volva, que vexa outra vez a primavera, que me ame aínda e que poidamos volver comezar a nosa vida do derradeiro ano, síntome feliz!

Mais que ilusa son! Cando apenas podo termar da pluma coa que lle escribo este insensato soño do meu corazón!

Pase o que pase, queríao de verdade, Armando, e hai tempo que estaría morta se non tivese para consolarme a lembranza dese amor e unha vaga esperanza de volvelo ver preto de min».

4 de febreiro

«Volveu o conde de G... A súa querida enganouno. Está moi triste, pois queríaa moito. Veumo contar todo. Ao pobre home vaille bastante mal nos negocios, o que non lle empeceu pagar o alguacil e despedir o gardián.

Faleille de vostede e prometeume que lle falaría de min. Como esquecía neses momentos que fora a súa querida e como intentaba el tamén facermo esquecer! Ten un bo corazón.

O duque mandou onte a saber novas miñas e veu esta mañá. Non sei que lle pode facer vivir aínda a ese vello. Estivo tres horas comigo e non chegaron a vinte as palabras que me dixo. Cando me viu tan pálida caéronlle dúas grosas bágoas. Sen dúbida, a lembranza da morte da súa filla facíao chorar. Veraa morrer dúas veces. Debruzado, coa cabeza inclinada cara á terra, o beizo pendurado, presentaba unha mirada apagada. A idade e a dor pesan dobremente no seu corpo esgotado. Non me fixo un só reproche. Mesmo se podería dicir que se alegraba secretamente dos estragos que a enfermidade fixera en min. Parecía orgulloso de estar de pé, cando eu, moza aínda, estaba machucada polo sufrimento.

Volveu o mal tempo. Non me vén ver ninguén. Xulia vélame todo o tempo que pode. Prudencia, á quen xa non lle podo dar tantos cartos coma outras veces, comeza a pór como pretexto os negocios para afastarse.

Agora que estou moi preto da morte, malia o que me din os médicos, pois teño varios, o que proba que a enfermidade vai a máis, case sinto ter escoitado a seu pai; de ter sabido que non lle quitaría máis que un ano ao seu porvir, non resistiría o desexo de pasalo con vostede, e polo menos, morrería tendo a man dun amigo. Ben, é verdade, que se vivísemos xuntos ese ano, non morrería tan axiña.

Que se cumpra a vontade de Deus!».

5 de febreiro

«Oh, Armando, veña, veña, sufro moito! Deus meu, vou morrer! Onte estaba tan triste, que quixen pasar fóra da miña casa a noite, que prometía ser tan longa coma a do día anterior. O duque veu pola mañá. Paréceme que a visión dese vello, esquecido pola morte, faime morrer máis de présa.

Malia a febre ardente que me consume, pedinlle que me vestisen e me levasen ao Vaudeville. Xulia púxome colorete, sen o cal tería o aspecto dun cadáver. Fun a ese palco onde lle dei a miña primeira cita; todo o tempo estiven fitando a butaca que ocupaba vostede aquel día e que onte ocupaba un pailaroco que ría escandalosamente todas as parvadas que dicían os actores. Leváronme a casa medio morta. Tusín e cuspín sangue toda a noite. Hoxe non podo falar e apenas podo mover os brazos. Meu Deus, meu Deus, vou morrer. Esperábao, mais non me podo afacer á idea de ter que sufrir máis do que sufro, e se...

(A partir desta palabra os poucos caracteres que Margarida intentara trazar resultaban ilexibles, e foi Xulia Duprat quen continuou)».

18 de febreiro

«Señor Armando:

Dende o día que Margarida teimou en ir ao teatro, cada vez foi de mal en peor. Perdeu completamente a voz e despois o uso dos membros. É imposible dicir o que sofre a nosa pobre amiga. Non estou acostumada a este clase de emocións, e teño continuos temores.

Canto me gustaría que estivese vostede aquí xunta nosoutras! Case sempre está delirando, mais delirando ou lúcida, é sempre o seu nome o que pronuncia cando consegue dicir unha palabra.

O médico díxome que non durará moito tempo. Dende que se puxo tan enferma, o vello duque non volveu.

Díxolle ao médico que lle fai moito dano este espectáculo .

A señora Duvernoy non se porta ben. Esa muller, que cría que ía sacar máis cartos de Margarida, xa que vivía á súa conta case completamente, adquiriu compromisos que non pode termar e, ao ver que a súa veciña non lle serve xa de nada, nin sequera vén vela. Todo o mundo a abandona. O señor de G..., abouxado polas súas débedas, viuse obrigado a volver a Londres. Ao marchar enviounos algúns cartos; fixo todo o que puido, mais viñeron a embargar de novo, e os acredores non agardan máis que a morte para facer a venda.

Intentei esgotar os meus últimos recursos para empecer estes embargos, mais o alguacil díxome que era inútil, e que aínda quedaban outros xuízos pendentes de execución, e posto que vai morrer, máis vale abandonalo todo que salvalo para a súa familia, a quen ela non quixo ver e que nunca a quixo. Non pode vostede imaxinarse en medio de que miseria dourada morre a pobre Margarida. Onte non tiñamos ningún diñeiro. Garfos, xoias, caxemiras, todo está empeñado; o resto está vendido ou embargado. Margarida aínda é consciente do que pasa ao seu redor e sofre de corpo, de espírito e de corazón. Grosas bágoas esvaran polas súas meixelas, tan chuchadas e tan pálidas, que, se vostede puidese vela, non recoñecería a cara que tanto o amou. Fíxome prometer que lle escriba cando ela xa non poida máis, e estou escribíndolle diante súa. Dirixe os ollos cara a min, mais non me ve; a súa ollada está xa velada pola morte próxima; no entanto, sorrí, e todas as súas cavilacións, toda a súa alma, estou segura que son para vostede.

Cada vez que alguén abre a porta, os seus ollos ilumínanse e sempre cre que vai entrar vostede; logo, cando ve que non é vostede, o seu rostro recobra a súa dolorosa expresión, queda empapada nunha suor fría e as súas meixelas tínguense de púrpura».

19 de febreiro, doce da noite

«Que triste día o de hoxe, meu pobre señor Armando! Esta mañá Margarida afogaba; o médico sangrouna e recuperou un pouco a voz. O doutor aconselloulle que vexa un sacerdote. Consentiu niso e el mesmo foi buscar un abade de Saint-Roch.

Durante este tempo Margarida chamoume a carón do seu leito, pregoume que abrira o armario, despois sinaloume un gorro e unha camisa de durmir cuberta de encaixes, e díxome con voz feble:

—Vou morrer despois de confesarme, vísteme con estas cousas; é unha coquetería dunha moribunda.

Despois bicoume chorando, e engadiu:

—Podo falar, mais afogo demasiado cando falo. Afogo! Aire!

Desfeita en lágrimas, abrín a ventá e uns intres despois entrou o cura.

Fun ao seu encontro.

Cando soubo de quen se trataba pareceu temer que ía ser mal acollido.

—Entre sen temor, padre –díxenlle.

Ficou pouco tempo no cuarto da enferma, e saíu dicíndome:

—Viviu como unha pecadora, mais morrerá como unha cristiá.

Momentos despois volveu acompañado dun acólito, que levaba un crucifixo, e dun sancristán que ía diante deles tocando a campaíña para anunciar que Deus viña a casa da moribunda.

Entraron os tres neste cuarto, onde noutrora resoaron palabras estrañas, e que arestora só era un tabernáculo sagrado.

Axeonlleime. Non sei canto tempo durará a impresión que me produciu este espectáculo, mais creo que, ata que chegue un momento parecido, non haberá cousa humana que me poida impresionar tanto.

O sacerdote unxiu cos santos óleos os pés, as mans e a fronte da moribunda, recitou unha curta oración, e Margarida atopouse preparada para ir ao ceo, onde irá sen dúbida se Deus viu as probas da súa vida e a santidade da súa morte.

A partir de entón non dixo unha palabra nin fixo un movemento. Moitas veces crería que estaba morta, de non ter oído o esforzo da súa respiración».

20 de febreiro, cinco da tarde

«Xa rematou todo.

Margarida entrou en agonía esta noite ao redor das dúas. Nunca un mártir sufriu semellantes tormentos, a xulgar polos berros que botaba. Dúas ou tres veces púxose en pé sobre o seu leito, como se quixese agarrar a vida que se elevaba cara a Deus.

Dúas ou tres veces pronunciou tamén o seu nome; despois calou e volveu caer esgotada no leito. Bágoas silenciosas agromaban dos seus ollos, e morreu.

Entón achegueime a ela, chameina e, como non respondía, pecheille os ollos e biqueina na fronte.

Pobre querida Margarida! Oxalá fose unha santa para que ese bico a encomendase a Deus!

Despois vestina como me pedira que o fixese; fun buscar un sacerdote a Saint Roch, acendín dúas velas por ela e recei na igrexa durante unha hora.

Deille aos pobres os cartos que lle quedaban.

Non me teño por relixiosa, mais penso que Deus recoñecerá a sinceridade das miñas bágoas, a miña pregaria fervente, a miña esmola sincera e que terá piedade da morta, que, morrendo moza e fermosa, non tivo a ninguén, máis que a min, para pecharlle os ollos e amortallala.

22 de febreiro

Hoxe tivo lugar o enterro. Moitas amigas de Margarida viñeron á igrexa. Algunhas choraban con sinceridade. Cando o cortexo fúnebre tomou o camiño de Montmartre, só ían detrás dous homes: o conde de G..., que viñera ex profeso de Londres, e o duque, que andaba axudado polos seus dous criados.

Dende a súa casa escríbolle todos estes detalles en medio de bágoas e diante dunha lámpada que arde tristemente, xunto a unha comida da que non podo probar bocado, como pode vostede imaxinar, mais que Nanine me fixo traer porque non comín nada dende hai máis de vinte e catro horas.

A miña vida non poderá conservar moito tempo estas tristes impresións, porque a miña vida non me pertence máis do que a súa pertencía a Margarida. Por iso lle dou todos estes detalles nos mesmos lugares que ocorreron, ante o temor de que se transcorrese moito tempo entre eles e o seu regreso non llos podería contar con toda a súa triste exactitude».

XXVII

—Leuno? –díxome Armando cando rematei a lectura do manuscrito.

—Comprendo o que debeu sufrir, amigo meu, se todo o que lin é verdade.

—Meu pai confirmoumo nunha carta.

Charlamos aínda un rato do triste destino que acababa de cumprirse, e marchei á miña casa a descansar un pouco.

Armando, sempre triste, mais un pouco aliviado polo relato desta historia, restableceuse axiña e fomos xuntos visitar a Prudencia e a Xulia Duprat.

Prudencia acababa de declararse en quebra. Díxonos que Margarida era a causante; que lle emprestara moitos cartos durante a súa enfermidade, que morreu sen devolverllos, e que non tendo os recibos dos ditos préstamos non podía presentarse como acredora.

Coa axuda deste conto, que a señora Duvernoy dicía a todo o mundo para xustificar os seus malos negocios, sacoulle un billete de mil francos a Armando, que non creu nada, mais quixo aparentar que o cría, pois era tal o respecto que tiña por todo canto estaba relacionado coa súa amante.

Despois fomos a casa de Xulia Duprat, que nos contou os tristes acontecementos dos que fora testemuña, vertendo lágrimas sinceras ao lembrar a súa amiga.

Por último, fomos á tumba de Margarida, onde as primeiras raiolas do sol de abril facían agromar as primeiras follas.

A Armando quedáballe cumprir un último deber: ir reunirse co seu pai. Quixo tamén que o acompañase.

Chegamos a C..., onde vin que o señor Duval era tal como o imaxinara polo retrato que del me fixo o seu fillo: alto, digno e afable.

Acolleu a Armando con bágoas de felicidade e apertoume afectuosamente a man. Decateime ben axiña de que o sentimento paternal dominaba no recadador sobre todos os demais.

A súa filla, de nome Branca, tiña esa transparencia de ollos e de mirada, esa serenidade de boca que demostran que a alma só concibe santos pensamentos e os beizos só din palabras piadosas. A casta moza alegrouse da volta do seu irmán sen saber que lonxe dela unha cortesá sacrificara a súa felicidade ante a soa invocación do seu nome.

Fiquei algún tempo con esta feliz familia, dedicada por completo ao que traía a convalecencia do seu corazón.

Volvín a París, onde escribín esta historia tal como ma contaron. Non ten máis que un mérito, que quizais lle será discutido: o de ser verdadeira.

Non tiro deste relato a conclusión de que todas as mozas como Margarida son quen de facer o que ela fixo; nada diso; mais tiven coñecemento de que unha delas experimentara un amor serio, polo que sufriu e polo que morreu, e conteille ao lector todo canto sabía. Era un deber.

Non son o apóstolo do vicio, mais fareime eco da desgraza nobre sempre que a oia implorar.

A historia de Margarida é unha excepción, repítoo; mais, se fose unha cousa cotiá, non merecería a pena escribila.

FIN

© BIVIR- Asociación de Tradutores Galegos, 2000

© da tradución Antonia Vega Prieto, 2000