Voltar

Longo

Dafnis e Cloe

Traducción de Mª Teresa Amado Rodríguez; revisada por J. J. Moralejo Álvarez

 

PROEMIO

1. Estando a cazar en Lesbos, nunha fraga das Ninfas vin o espectáculo máis fermoso que xamais vin: unha pintura, unha historia de amor. Fermosa era tamén a fraga, abondosa en árbores, florida, con regueiros; unha única fonte nutría todo, as flores e mailas árbores. Pero a pintura era máis meiga, pola súa arte sobranceira e a súa aventura amorosa; de maneira que moitos, mesmo estranxeiros, viñan pola súa sona, para lles suplicaren ás Ninfas e para contemplaren o cadro. 2 Nel había mulleres parindo e outras aquelando con vurullos, meniños expostos, rabaños criándoos, pastores que os adoptaban, mozos prometéndose, correría de piratas, acometida de inimigos. Cando outras moitas cousas, e todas de amor, vin e admirei, posuíume unha arela de lles replicar coa letra. 3 E logo de me buscar un intérprete do cadro, fixen con esforzo catro libros, ofrenda a Amor, ás Ninfas e a Pan, logro deleitoso para tódolos homes, que mesmo sanará ó enfermo e consolará ó magoado, traerá lembranzas ó que estivo namorado e instruirá ó que non amou. 4 Pois nunca ninguén escapou nin escapará do amor, mentres exista fermosura e ollos para contemplala. Pero a nós que o deus nos conceda escribi-las coitas alleas conservando o siso.

LIBRO I

1.1 Mitilene é unha vila de Lesbos, grande e fermosa, pois está dividida por canles, entre as que discorre o mar, e ornada con pontes de pedra luída e branca. Crerías ver non unha vila, senón unha illa. 2 Mais a cousa duns douscentos estadios desta vila de Mitilene, había un eido dun home rico, fermosísima propiedade: montes criadores de caza, chairas trigueiras, outarelos de videiras, pasteiros para os rabaños. E ó longo dunha praia largacía de area donda, rompía o mar.

2.1 Un cabreiro, chamado Lamón, cando neste eido apacentaba o rabaño, atopou un meniño aleitado por unha das cabras. Había un aciñeiral, unha matagueira de silveiras, con hedra vagando por riba, e herba velaíña, a carón da cal estaba deitado o meniño. Alí a cabra, corricando decote, desaparecía a cada paso, e deixando o seu cabuxo, demoraba co cativo. 2 Vixía Lamón as carreiras, compadecido do cabuxo desleixado, e no pino do mediodía, seguindo as pegadas, ve a cabra que o ten acochado con coidado, para non o magoar cos pezuños ó pisar, e a este, que, como do peito da nai, chuchaba o chingo do leite. 3 Abraiado, como é natural, achégase e atopa un meniño varón, rufo e fermoso, entre vurullos mellores dos que corresponden á sorte dun neno exposto. Pois había unha mantiña púrpura, unha fibela de ouro e unha espadiña de puño de marfil.

3.1 Primeiro determinou levar unicamente os obxectos de recoñecemento e deixa-la crianza. Despois, avergonzado por non arremeda-la filantropía sequera dunha cabra, agardando a noite, leva todo ó pé da súa dona Mírtale, os obxectos de recoñecemento, o meniño e a mesma cabra. 2 Como ela quedara perplexa de que as cabras pairan meniños, explícalle el todo: cómo o atopara desleixado, cómo o vira alimentarse, cómo sentira vergonza de deixalo a morrer. Sendo ela do mesmo sentir, agachan as cousas que estaban con el, teñen o meniño por seu e encoméndanlle a cría á cabra. E para que tamén o nome do meniño semellase de pastor, acordaron chamalo Dafnis.

4.1 Pasados xa dous anos de tempo, un pastor chamado Driante, que pastoreaba en campos veciños, vén dar tamén el con achado e espectáculo semellantes. Había unha cova de Ninfas, un penedo grande, oco por dentro, redondo por fóra. 2 As estatuas das mesmas Ninfas foran feitas na pedra: pés descalzos, brazos espidos ata os ombreiros, cabeleiras desatadas ata o pescozo, cinto arredor do cós, sorriso no sobrancello; toda a fasquía era a dun coro de danzantes. A boqueira da cova estaba mesmamente no medio do gran penedo. 3 A auga que abrollaba dunha fonte, ó escorrer, formaba un regueiro, así que tamén se estendía diante da cova un prado celmoso, por se nutrir coa lentura abondosa e branda herba. Ficaban alí canadas, frautas, sirinxes e cálamos, ofrendas de vellos pastores.

5.1 Ata este ninfeo achegábase a cotío unha ovella parida de pouco, de xeito que moitas veces semellaba extraviada. Coa idea de endereitala e facela virar ás súas boas usanzas de antes, dobrando un atume de vara verde semellando un lazo, achegouse ó penedo para a apreixar alí. 2 Pero, xa no sitio, non viu nada do que esperara, senón aquela, que lle daba o ubre de guisa moi humana, para que con fartura zugase do leite, e a crianza, que, sen choras, con ansia cambiaba dun teto a outro a súa boca limpa e radiante, porque a ovella lle lambía a cara coa lingua cando xa quedaba farta de alimento. 3 Esta crianza era feminina e cabo dela había tamén vurullos e obxectos de recoñecemento: unha cofia recamada en ouro, zapatos dourados e argolas de ouro para os nocelos.

6.1 Considerando o achado cousa divina e aprendendo da ovella compaixón e amor á meniña, ergue nos brazos a crianza, garda no fardelo os obxectos de recoñecemento e prégalles ás Ninfas criar con presaxio favorable a súa suplicante. 2 E cando xa era o momento de acadarma-lo rabaño, despois de chegar á cortella, explícalle á súa dona o que vira, amósalle o que atopara, encoméndalle que a teña por filliña e que a críe ás agachadas coma propia. 3 Nape —pois así se chamaba ela— de seguida foi unha nai e amaba a crianza coma se tivese medo de que a ovella a fixese de menos e, para que resultase crible, ponlle tamén un nome de pastora: Cloe.

7.1 Estes meniños medraron axiña e revelábase neles unha beleza superior á rústica. Xa tiña el quince anos de idade e ela dous menos, cando Driante e Lamón, unha mesma noite, ven este soño. 2 Pareceulles que aquelas Ninfas da cova da fonte na que Driante atopara o meniño, entregaban a Dafnis e Cloe a un rapaciño moi fachendoso e lindo, con ás nos ombreiros, que levaba pequenas frechas e un arquiño. E o rapaciño, alcanzando a ámbolos dous cunha soa frecha, mándalles de agora en diante pastorear, a el o rabaño das cabras, a ela o das ovellas.

8.1 Ó veren este soño, desgustáronse, xa que serían pastores e cabreiros aqueles ós que polos seus vurullos se lles anunciaba unha sorte sobranceira —por mor dela criábanos con alimentos máis finos e aprendíanlle-las letras e tódalas cousas fermosas que a vida campesiña lles deixaba—, pero resolveron obedece-los deuses no tocante a aqueles que se salvaran por medio da providencia divina. 2 Comunícanse o soño un a outro e onda as Ninfas fanlle un sacrificio ó rapaciño das ás —pois non sabían o seu nome— e mándanos de pastores cos seus rabaños, logo de lles aprender cada cousa: cómo cómpre pastorear antes do mediodía e volver pastorear cando alivia o tosteiro, 3 cándo os levar ó bebedeiro, cándo os tornar á corte; con cales hai que emprega-lo caxato e con cales só a voz. Eles, moi ledos, aceptábano, coma se dun cargo importante se tratase, e amaban as cabras e as ovellas máis do que adoita entre os pastores, ela porque lle apoñía a unha ovella a causa da súa salvación e el porque lembraba que unha cabra o criara cando fora abandonado.

9.1 Era o comezo da primavera e tódalas flores resplandecían nos bosques, nos prados e nos montes. Había xa zunido de abellas, rechouchío de paxaros cantadores, choutos de años recén nacidos: os cordeiros rebeiraban nos montes, zoaban nos prados as abellas, os paxaros enchían cos seus cantos as fraguizas. 2 Inzaba todo un tempo tan bonanceiro que, tenros e novos, deron en imita-lo que escoitaban e vían; se escoitaban os cantos dos paxaros, cantaban, se vían as ovellas trouleando, saltaricaban con lixeireza, e, para imitaren tamén as abellas, apañaban flores e unhas botábanas no colo e con outras tecían coroas que lles levaban ás Ninfas.

10.1 Facían todo en común, xa que pastoreaban un preto do outro. E moitas veces Dafnis arrecadaba as ovellas extraviadas, moitas veces Cloe facía baixar dos alpeiros as cabras máis arrouzadas e por veces un coidaba ámbolos dous fatos, cando o outro estaba enredado nun xogo. Os seus xogos eran de pastores e de nenos. 2 Ela saía a apañar dalgunha parte caules de abrótega e tecía gaiolas para os grilos e, entretida nisto, desleixaba as ovellas. El cortaba canas delgadas e furaba os treitos entre as nórregas e, pegando unhas ás outras con branda cera, ocupábase de toca-la sirinxe ata a noite. 3 E por veces compartían o leite e o viño e poñían en común a comida que levaran da casa. E máis axiña un vería as súas ovellas e as súas cabras arredadas unhas das outras que a Cloe de Dafnis.

11.1 Mentres eles xogaban a tales cousas, Amor argallou esta angueira. Unha loba, que criaba uns cachorros noviños, rispaba dos campos próximos moitas presas doutros rabaños, porque precisaba pábulo abondo para a mantenza dos cachorros. 2 Xúntanse logo os aldeáns e pola noite escavan foxos dunha braza de longo e catro de fondo. Esparexen boa parte da terra amoreada, levándoa lonxe, e, espallando ramallos secos e longos por riba do buraco, bótanlle o resto da terra, dándolle ó chan a traza de antes. De xeito que, se unha lebre cruza correndo, rompa as pólas que resultan máis febles cás pallas, e se poida saber entón que non había chan, senón imitación do chan. Aínda que escavaron moitos foxos, así nos montes como nas chairas, non chegaron a colle-la loba, porque ela se decataba de que era un chan enganoso; pero fixeron morrer moitas cabras e ovellas e a pouco máis tamén a Dafnis deste xeito:

12.1 Uns godallos adoecidos deron en pelexar. Nunha turrada máis forte, un deles tronza o corno do outro e este, doente e refungando, dáse á fuga. Pero o vencedor, indo atrás do seu rastro, non lle dá pausa á fuxida. Dafnis, con mágoa polo corno e carraxe pola fachenda, colle un pao e o caxato e persegue ó perseguidor. 2 E como tanto o que fuxía coma o que con rabia o perseguía non vían ben o que tiñan baixo os pés, caen ámbolos dous nun burato, o bode diante e Dafnis atrás. E iso foi o que salvou a Dafnis, que o bode lle servise de acocho na caída. 3 El agardaba chorando a que, se pasaba algún, o erguese. Pero Cloe, que vira o acontecido, acode ás alancadas onda o foxo e, decatándose de que vive, chama en axuda a un vaqueiro dos campos veciños. 4 Este, cando chegou, buscaba unha corda longa para que, collido dela e tirando dende arriba, puidese subir. E non había corda, pero Cloe, desatando o cinguidoiro, dállo ó vaqueiro para que o bote. E deste xeito, eles, de pé na beira, tiraron e el subiu axudando coas mans os tiróns do cinguidoiro. 5 Izaron tamén o bode malfadado, que tiña ámbolos dous cornos tronzados: a tanto chegou o escarmento polo macho vencido. Danllo como recompensa ó vaqueiro para ser sacrificado e dispóñense a disimular ante os da casa unha acometida dos lobos contra eles, por se alguén o botaba de menos. Á volta, inspeccionan as ovellas e as cabras. E cando atoparon que o rabaño estaba en orde, tanto cabras coma ovellas, examinan, sentados no torobelo dunha aciñeira, se Dafnis coa caída sangra por algunha parte do corpo. 6 Non tiña ningunha ferida nin sangraba por ningures, pero tiña lixada de terra e lama a cabeleira e mailo resto do corpo. Acordaron que se lavase antes de que Lamón e Mírtale se decatasen do acontecido.

13.1 Indo con Cloe ata o ninfeo, dálle, para que ela o garde, o paxeliño e mailo fardelo. El achegouse á fonte para lava-lo cabelo e o corpo todo. 2 Era o seu cabelo negro e mesto e o seu corpo estaba crestado polo sol. Mesmo parecera que tomaba a cor da sombra do cabelo. A Cloe, que o contemplaba, parecíalle que Dafnis era fermoso e, como era a primeira vez que llo parecía, pensaba que o baño era a causa da súa beleza. E tamén, ó lle lava-las costas, a carne resultoulle donda no tacto, de xeito que ela adoito se apalpaba ás furtadelas por probar se o seu corpo era máis tenro. 3 E logo —pois o sol xa devalaba— puxeron en marcha os rabaños cara á casa e Cloe non tiña ningún outro sentimento que non fose a cobiza de ver bañar a Dafnis de novo. 4 Ó día seguinte, cando chegaron ó pasteiro, Dafnis, sentado ó pé da aciñeira de costume, tocaba a frauta e ó mesmo tempo vixiaba as cabras, que estaban deitadas e coma se escoitasen as melodías, e Cloe, sentada á súa beira, miraba tamén o fato das ovellas, pero aínda máis contemplaba a Dafnis. E este, tocando a frauta, outra vez parecíalle belo e de novo pensaba que a música era a causa da súa beleza, de modo que atrás del tamén ela tomou a frauta, por se así se volvía fermosa. 5 Convenceuno de que se bañase outra vez e mirou como se bañaba e, logo de contemplalo, tocouno e, á volta, gabábao de novo e a loanza era comezo de amor. A rapaza abofé que non sabía o que lle pasaba, noviña e criada na vida do campo e sen ter oído a ningún outro menta-la palabra amor. Un desacougo apoderábase da súa alma e non dominaba os seus ollos e balbucía a cotío "Dafnis". 6 Descoidaba a comida, pola noite velaba, tiña o fato desleixado, nun instante ría, noutro choraba, tanto durmiñaba como logo saltaba. O seu rostro estaba esmacelado e por veces acendíase co rubor. Feitos tales non os faría nin unha xata picada por un tabán. Por veces, cando estaba soa, víñanlle palabras coma estas:

14.1 "Agora estou enferma, pero descoñezo cal é a miña enfermidade. Padezo e non teño ferida. Estou magoada e non me morreu ningunha das ovellas. Quéimome e estou sentada na mesma sombra. 2 ¡Cantas silveiras tantas veces me rabuñaron e mais non chorei! ¡Cantas abellas me espetaron o seu aguillón e mais comía! Pero isto que me fere o meu corazón é máis punxente ca todo aquilo. Fermoso é Dafnis: e tamén as flores. Fermosa soa a súa sirinxe: e tamén os reiseñores. Pero eles non me interesan. 3 ¡Oxalá me virase na súa frauta, para que soprase a través de min! ¡Oxalá nunha cabra, para que el me apacentase! ¡Perversa auga! Só a Dafnis fixeches fermoso, en cambio eu bañeime en balde. Estou perdida, Ninfas queridas. Nin vós viñestes valer a unha doncela criada entre vós. 4 ¿Quen vos poñerá coroas despois de min? ¿Quen criará os años malpocados? ¿Quen terá conta do grilo tareleiro, que con moitos traballos apreixei para que me adurmiñase co seu canto diante da cova? Agora non durmo por culpa de Dafnis e o grilo tarela de balde".

15.1 Tal padecía e tal dicía, buscando o nome do amor. Pero o vaqueiro Dorcón, que erguera do foxo a Dafnis e mailo bode, un rapaciño xa con barbuxa, sabedor dos feitos e os nomes do amor, xustamente aquel día namorouse de Cloe e cantos máis pasaban máis lle fervía a alma. E, sen botar conta de Dafnis, como neno que aquel era, determinou conseguila con agasallos ou pola forza. 2 Levoulles como primeiros regalos, a el unha frauta pastoril de nove canas unidas con bronce e non con cera, e a ela o pelello dun cervelo dos que levan as Bacantes, que tiña o pelo coma pintado de cores. 3 Dende que o tiveron por amigo, el foise desentendendo pouco a pouco de Dafnis, en cambio a Cloe leváballe todíñolos días un queixo fresco ou unha coroa de flores ou unha mazá madura. Levoulle tamén unha vez un cuxo recén nacido e unha cunca adornada con ouro, e pitiños de paxaros dos montes. E ela, que descoñecía as artes dun namorado, aledábase cando recibía os regalos, pero aínda se aledaba máis cando con eles podía agasallar a Dafnis. 4 E —pois cumpría xa que Dafnis coñecese as coitas do amor— un día houbo unha rifa entre Dorcón e mais el por cuestión de beleza. Cloe facía de xuíz e o premio para o vencedor era un bico de Cloe. Dorcón falou así o primeiro:

16.1 "Eu, rapaza, son máis ca Dafnis: eu son vaqueiro e el é cabreiro. E vallo tanto máis ca el canto os bois valen máis cás cabras. Eu son branco coma o leite e loiro coma o cereal que mesmo vai ser segado e crioume unha nai, non unha besta. 2 En cambio este é pequeno e lampiño coma unha muller e mouro coma un lobo. Pastorea bodes, e por iso cheira a bravío, e tan pobre é que non pode criar nin un can. Se, como din, unha cabra lle deu o leite, non se diferencia nada dos cabuxos". 3 Tales foron as palabras de Dorcón e, despois delas, falou Dafnis: "A min crioume unha cabra, como a Zeus. Pastoreo bodes máis grandes cós teus bois. Pero non collín o cheiro deles, porque tampouco o colleu Pan, aínda que é bode na súa maior parte. 4 Abóndame o queixo e o pan do espeto e o viño branco, tesouros de campesiños ricos. Son lampiño, tamén Dioniso é. Mouro, e tamén o xacinto. Pero vale máis Dioniso cós Sátiros e o xacinto cós lirios. 5 Este é loiro coma unha raposa e barbudo coma un bode e branco coma unha muller da vila. E se tes que bicarme a min, bicarás a miña boca, pero deste, bicara-los pelos da súa barba. Lembra, neniña, que a ti te criou unha ovella, mais con todo es fermosa".

17.1 Xa non esperou Cloe, senón que, compracida co afago e cobizosa dende había tempo de bicar a Dafnis, botouse a bicalo, sen experiencia e sen xeito, pero moi capaz de lle acende-la alma. 2 Dorcón, magoado, marchou ás alancadas á procura doutro vieiro para o amor. En cambio Dafnis, non coma se o bicasen, senón coma se o mordesen, quedou de seguida desacougado e a miúdo arrepiaba e quería reprimi-lo axitado corazón e devecía por mirar a Cloe. Pero cando a miraba, arroibábase todo. 3 Entón por primeira vez quedou admirado coa súa cabeleira, porque era loira, e cos seus ollos, porque eran grandes coma os dunha vaca, e co seu rostro, porque abofé era máis branco có leite das cabras: talmente coma se tivese ollos por primeira vez nese momento e antes estivese cego. 4 Nin tomaba alimento, a non ser para petiscalo, e a bebida, se nalgún momento o forzaban, levábaa só ata molla-la boca. Estaba calado o que antes era máis paroleiro cós grilos, preguiceiro o que bulía máis cás cabras. Ata o rabaño estaba desleixado e a frauta tirada. O seu rostro estaba máis amarelecido cá herba no verán. Poñíase falangueiro unicamente con Cloe e, se ficaba só, afastado dela, tresleaba consigo mesmo estas cousas:

18.1 "¿Que foi o que me fixo un bico de Cloe? Os seus beizos son máis delicados cás rosas e a súa boca máis doce ca un favo de mel, pero o seu ósculo é máis ferinte có aguillón dunha abella. Moitas veces biquei os cabuxos, moitas veces biquei os cadelos recén nacidos e o cuxo que lle deu Dorcón. Pero este beixo é algo novo. Váiseme o alento, sáltame fóra o corazón, fóndeseme a alma, pero, aínda así, quero bicala de novo. 2 ¡Ouh condenada victoria! ¡Ouh estraña doenza da que non podo dici-lo nome! ¿Seica Cloe probou algunha beberaxe cando me ía bicar? ¿E logo como non morreu? ¡Como cantan os reiseñores e cala a miña frauta! ¡Como choutan os cabuxos e eu estou sentado! ¡Como abrollan as flores e eu non tezo coroas! Florecen as violetas e mailo xacinto e Dafnis esmúrchase. ¿Seica mesmo Dorcón vai amosar mellor feitío ca min?".

19.1 Tal padecía o bo de Dafnis e tal dicía, que por primeira vez probara os feitos e as palabras do amor. O vaqueiro Dorcón, o namorado de Cloe, que vixiaba a Driante cando espetaba unha planta preto dun bacelo de vide, achégase a el cuns queixiños excelentes e dállos como agasallo, porque era amigo seu de vello, de cando pastor. E empezando por aquí, deu en falar do casamento de Cloe. 2 E se a tomaba por esposa, ofrecía regalos abondos e importantes, coma vaqueiro que era: unha parella de bois de labranza, catro covos de abellas, cincuenta plantas de maceiras, un pelello de touro para facer zapatos, un cuxo que xa non precisa leite cada ano. 3 Así que Driante, enfeitizado polos agasallos, a pouco máis consente no casamento. Mais, considerando que a moza era merecente dun home mellor e co medo de que, se cadra, lle caesen desgracias irreparables no caso de ser descuberto, desbotou o casamento, pediu escusas e rexeitou os mencionados agasallos.

20.1 Dorcón, como fracasara na súa segunda esperanza e perdera de balde uns bos queixos, determinou poñerlle a man derriba a Cloe, cando estivese soa. E advertindo que cada día levaban os rabaños ó bebedeiro, unha vez Dafnis e outra a rapaza, argalla unha argallada propia dun pastor. 2 Colle o pelello dun lobo grande que un touro matara cos cornos cando pelexaba por defende-las vacas, e pono arredor do seu corpo tapándose ata os pés, de xeito que as patas dianteiras cubran as mans e as traseiras as pernas ata o calcañar e o burato do bico envolva a cabeza coma o casco dun hoplita. 3 Logo de se virar en besta o mellor que puido, achégase ó pé da fonte onde bebían as cabras e as ovellas despois de pastar. A fonte estaba nun fondal e, arredor dela, o lugar todo era agreste, con espiños, silveiras, zimbro baixo e cardos. 4 Mesmo un lobo verdadeiro doadamente podería estar alí escondido axexando. Dorcón, alí agachado, espreitaba a hora de abeberar e tiña moita esperanza de lle bota-las mans a Cloe, estarrecéndoa coa súa fasquía.

21.1 Pasado pouco tempo, Cloe facía baixa-los rabaños ata a fonte, mentres deixaba a Dafnis cortando ramallo verde para alimento dos cabuxos despois do pasto. 2 E os cans que a seguían para garda-las ovellas e mailas cabras, galistrando co olfacto, coma cans que eran, descubriron a Dorcón que xa buligaba para ataca-la rapaza e, ladrándolle enrabiadamente, chimpáronse enriba do lobo. E, poñéndose arredor, antes de que el, coa pavura, se puidese erguer totalmente, trabábanlle no pelello. 3 Entrementres, el, avergonzado pola evidencia e protexido polo pelello que o cubría, ficaba silandeiro na fraguiza. Pero cando Cloe, atordada ante o primeiro que vira, chamou en auxilio a Dafnis, e os cans, tirándolle do pelello, pillaban o seu corpo, daquela el, con laios, pregaba o socorro da rapaza e mais de Dafnis que xa se achegaba. 4 Axiña acalaron os cans, chamándoos do xeito acostumado, e levaron ata a fonte a Dorcón, que ía trabado nas coxas e mais nos ombreiros, laváronlle as trabadas por onde lle entraran os dentes e cubríronllas con cascas secas de olmeiro logo de machicalas. 5 Por inexperiencia nas afoutezas amorosas, tiveron o disfrace do pelello por un xogo de pastor e non se alporizaron, senón que o consolaron e o despediron, levándoo pola man un pedazo.

22.1 Este, logo de pasar por tal perigo e a salvo de boca de can, non de lobo, como se di, coidaba do corpo. E Dafnis e Cloe pasaron moitos traballos ata a noite para acadarma-las cabras e mailas ovellas; 2 pois, estarrecidas polo pelello e axitadas polos ladridos dos cans, unhas ralbaran polos penedos e outras baixaran correndo ata o mesmo mar. E abofé que estaban adestradas para obedecer a unha voz, para quedar enfeitizadas coa sirinxe e para se arrecadar ó palmeo da man, pero, nese intre, o medo orixinóulle-lo esquecemento de todo. 3 E, atopándoas polas pegadas como a lebres, leváronas á cortella con traballo. Aquela foi a única noite que durmiron un sono fondo e tiveron na súa canseira un remedio da mágoa do amor. 4 Pero ó chegar novamente o día, outra vez sufrían as mesmas angurias. Alegrábanse de se veren, magoábanse ó se separaren, padecían, arelaban algo e descoñecían o que querían. Tan só sabían que a el o perdera un bico e a ela un baño.

23.1 Queimábaos tamén a estación do ano. Era xa o remate da primavera e o comezo do verán e todo estaba en sazón: as árbores con froito, as searas co cereal. Doce era o renxe-renxe das chicharras, delicado o arrecendo da froita, tenro o bear das ovellas. 2 Parecera que mesmo os ríos cantaban fluíndo manseniñamente, os ventos tocaban a sirinxe soprando entre os piñeiros, as mazás caían na terra por amor e o sol, amante da beleza, desvestía a todos. Dafnis, afervoado por todas estas cousas, metíase no río e bañábase unhas veces e outras daba en pescar no remuíño de peixes. A miúdo tamén bebía para apaga--la ardencia interior. 3 E Cloe, logo de muxi-las ovellas e as máis das cabras, botaba moito tempo en calla-lo leite, xa que as moscas teimaban en amolala e picala se as escorrentaba. Logo despois, unha vez que lavaba a cara, coroábase con pólas de piñeiro e cinguíase co cervelo e, enchendo a cunca de viño e mais de leite, bebía en común con Dafnis.

24.1 Mais, chegado o mediodía, os seus ollos xa quedaban cativados. Pois ela, cando miraba a Dafnis espido, enchíase da súa cumprida beleza e derretíase sen poder tachar ningunha parte do seu feitío. E el, cando a vía co cervelo e a coroa de piñeiro tendéndolle a cunca, cría ver unha das Ninfas da cova. 2 Entón, rispáballe da cabeza as pólas de piñeiro e coroábase el mesmo, bicando antes a coroa. E ela, mentres el se bañaba e estaba espido, vestía as súas roupas, bicándoas antes tamén ela. 3 Nalgún momento ata se tiraron mazás un ó outro e, peiteando as cabeleiras, enfeitábanse mutuamente as cabezas. E ela comparou o cabelo del, porque era negro, cos mirtos, e el o rostro dela cunha mazá, porque era branco e rosado. 4 El aprendíalle a toca-la sirinxe e, cando ela comezaba a soprar, o rapaz arrebatáballe a sirinxe e percorría as canas cos beizos. E semellaba instruíla cando se ela trabucaba, pero con disimulo bicaba a Cloe por medio da sirinxe.

25.1 Mentres el tocaba a frauta polo mediodía e os rabaños ficaban á sombra, Cloe, sen se decatar, durmiñaba. Dafnis, cando descubría isto, tiraba a súa frauta e, insaciable, paseaba a mirada por toda ela, como sen sentir vergonza, e, ó mesmo tempo, en secreto marmexaba quediño: 2 "¡Como dormen os seus ollos! ¡Como alenta a súa boca! Nin as mazás nin as fragas valen tanto. Pero temo bicala. O seu beixo traba no corazón e, talmente coma o mel novo, fai entolecer. Teño medo, non sexa que a desvele cando a bique. 3 ¡Ouh chicharras lariqueiras que non a deixarán durmir con tanto renxer! ¡Pero tamén os bodes dan en bate-los cornos na pelexa! ¡Ouh lobos máis medráns ca raposas, que non os rapinaron!"

26.1 Mentres estaba el en tales falencias, unha chicharra, que fuxía dunha andoriña que quería pillala, caeu no seo de Cloe. A andoriña que a perseguía non foi quen a collela, pero, como no acoso se achegou tanto a ela, deluvou as súas meixelas coas ás. 2 Ela, que non sabía o que pasara, saíu do sono cun forte berro. Pero, cando viu a andoriña voando preto e a Dafnis rindo do seu medo, deixou de tremer e esfregaba os ollos que aínda cobizaban durmir. 3 Dende o seo a chicharra renxeu coma un suplicante que recoñece o favor da salvación. Novamente berrou Cloe e Dafnis deu en rir e, aproveitando o adaxo, meteulle as mans no peito e sacou fóra a boa da chicharra, que nin na súa man dereita calaba. Ela mirouna xubilosa, colleuna, bicouna e púxoa de novo no seo mentres seguía a cantar.

27.1 Dunha vez deleitounos o arrolo pastoril dunha pomba que chegaba da fraga, e como Cloe quería saber qué dicía, aprendeullo Dafnis, contándolle esta repetida historia: 2 "Houbo, rapaza, unha rapaza igualmente fermosa e que así pastoreaba moitas vacas nunha fraga. Tamén era cantareleira e as vacas deleitábanse coa súa música e pastoreábaas sen pancada de caxato nin picada de aguillada, senón que, sentada ó pé dun piñeiro e coroada coas súas ramas, cantaba a Pan e a Pitis, e as vacas ficaban onda a súa voz. 3 Un neno que pastoreaba vacas non moi lonxe, fermoso tamén el e cantareleiro coma a rapaza, xustando cun cantar, amosou, pola súa parte, unha voz máis forte, porque era varón, e doce, porque era neno, e enfeitizando as oito mellores vacas, levounas á súa propia peada. 4 Adoece a rapaza co dano do seu rabaño e coa derrota no canto, e prégalles ós deuses tornarse paxaro antes de voltar á casa. Acceden os deuses e fan dela este paxaro, montaraz coma a rapaza e melodioso coma ela. E aínda agora denuncia a súa desgracia co seu canto, porque busca as vacas perdidas".

28.1 Tales deleites lles traía o verán. Pero cando o outono estaba na plenitude e os acios en sazón, uns piratas tirios que levaban un barco cario para non parecer bárbaros, abeiraron xunto á campía e, desembarcando con puñais e petos, rispaban todo o que lles viña á man: viño recendente, trigo abondo, mel de panal. Ata levaron algún boi do armentío de Dorcón. 2 E collen tamén a Dafnis, que erraba pola beira do mar, pois Cloe, como rapaza que era, sacaba máis tarde as ovellas de Driante, por medo ós pastores recachados. Cando viron un rapaz grandiño, garrido e de máis valía cá tomadía dos campos, sen facer caso nin das cabras nin das outras agras, levárono ás naves, mentres el choraba apurado e berraba por Cloe. 3 Soltando as amarras de contado e aplicándose coas mans ós remos, navegaban mar adentro. Mentres, Cloe, que lle levaba de regalo a Dafnis unha frauta nova, facía baixa-lo rabaño. Cando ve as cabras remexidas e escoita que Dafnis cada vez lle berraba máis, deixa as ovellas, chimpa a frauta e vai ás alancadas onda Dorcón para pedir axuda.

29.1 Pero este xacía tundido pola forte malleira dos piratas, case sen folgos e verquendo moito sangue. Cando viu a Cloe, retomou pequenas faíscas polo seu antigo amor e dixo: "Eu, Cloe, estarei morto de aquí a pouco, porque os impíos piratas, cando loitaba polas miñas vacas, me derrubaron como a unha vaca. 2 Pero ti, sálvame a Dafnis, víngame a min e acaba con eles. Eu aprendinlles ás miñas vacas a segui-lo son da sirinxe e a persegui-la súa melodía, aínda que anden a pastar ben lonxe. Ti vai, colle esta sirinxe e sopra nela aquela melodía que lle aprendín unha vez a Dafnis e Dafnis a ti. O resto será cousa da sirinxe e das vacas que están alí. 3 Regáloche esta mesma sirinxe coa que vencín en xusta a moitos vaqueiros e cabreiros. Ti, en troques disto, bícame mentres aínda estou vivo e chórame cando estea morto. E cando vexas que outro leva as vacas, lémbrate de min".

30.1 Tal dixo Dorcón e, ó mesmo tempo que bicaba por última vez, co beixo e a voz entregou a alma. E Cloe, collendo a frauta e poñendo os beizos nela, tocaba o máis forte que podía. Escóitana as vacas e recoñecen a canción, e nun mesmo arruzo, bruando, precipítanse no mar. 2 Como o brinco forte fora nun só bordo da nave e co chimpo das vacas se abrira unha fenda no mar, a nave emborcou e, cando se cerraron as ondas, afundiu. Os homes botáronse fóra sen teren igual esperanza de salvación. 3 Pois os piratas levaban pendurados os coitelos e ían revestidos cos petos de escamas e calzaban caneleiras ata media perna. En cambio Dafnis estaba descalzo, porque andaba a pastorear nunha camposa, e medio espido, porque aínda era a tempada da quentura. 4 A aqueles, logo de nadar un pouco, as súas armas leváronos ó fondo. Sen embargo Dafnis quitou doadamente a súa roupa, aínda que se cansaba de nadar, xa que antes tan só nadara nos ríos. 5 Pero despois, aprendendo da necesidade o que tiña que facer, botouse no medio das vacas, colleu coas dúas mans dous cornos de dúas vacas e deixábase levar no medio, sen esforzo e sen canseira, coma quen leva un carro. 6 Pois unha vaca nada ben mellor do que nada un home: gáñanlle unicamente os paxaros acuáticos e os propios peixes. E unha vaca nadando non morrería a non ser que lle caesen os pezuños ó se enchouparen. Son testemuña deste conto os moitos lugares do mar chamados "Paso da vaca".

31.1 Así foi como se salvou Dafnis, fuxindo, contra toda esperanza, de dous perigos: dos piratas e do naufraxio. Despois de saír da auga e atopar en terra a Cloe, que ría e choraba a un tempo, bótase ós seus brazos e pregúntalle con que intención tocara a frauta. 2 Ela cóntalle todo: a carreira ata Dorcón, o adestramento das vacas, cómo lle mandou toca-la frauta e que Dorcón morrera. O único que non mentou, por recato, foi o beixo. Acordaron honrar ó seu benfeitor e, cos seus parentes, foron soterra-lo malpocado Dorcón. 3 Puxéronlle derriba moita terra, plantaron moitas plantas de xardín e penduraron para el as primicias dos seus traballos. Pero tamén fixeron libacións con leite, espremeron acios de uvas e crebaron moitas frautas. 4 Escoitáronse os brados choróns das vacas e víronse, cos brados, algunhas carreiras desordenadas. Segundo o parecer de pastores e cabreiros, isto era o pranto das vacas polo vaqueiro morto.

32.1 Despois do enterro de Dorcón, Cloe leva a Dafnis, para lavalo, ó pé das Ninfas, dentro da cova. E ela, á vista de Dafnis por primeira vez nese momento, lava o seu corpo branco e nidio pola súa beleza, que non precisaba de ningún baño para ser fermoso. 2 E apañando cantas flores son propias desa tempada, coroaron as estatuas, e como ofrenda, penduraron do penedo a frauta de Dorcón. E logo disto, foron pasar revista ás cabras e ás ovellas. 3 Estaban todas deitadas, sen pastar nin bear, máis ben, penso eu, con morriña por Dafnis e Cloe que non aparecían. Por certo que, cando eles se deixaron ver e lles berraron como de costume e tocaron a frauta, as ovellas levantárose e deron en pastar e as cabras choutaron refungando, como compracidas polo salvamento do seu cabreiro habitual. 4 Mais Dafnis non foi quen de convence-la súa alma para que se aledase, despois de ver a Cloe espida e descuberta a beleza antes agochada. Doíalle o corazón, como rillado por velenos, e unhas veces botaba o alento con axitación, coma se alguén o perseguise, e outras faltáballe, coma se o tivese esgumiado polas carreiras anteriores. Parecíalle que o baño era máis temible có mar. Pensaba que a súa alma aínda estaba no medio dos piratas, tan novo e rústico era e tan descoñecedor da piratería de Amor.

LIBRO II

1.1 Como o outono xa estaban na súa plenitude e a vendima se lles botaba encima, todos andaban a traballar nos campos. Este aquelaba os lagares, aquel limpaba bocois, o outro tecía paxos. 2 Ocupábase un dun pequeno podón para cortar acios, outro dunha pedra coa que poder espreme-lo zume dos acios e outro do vimbio seco escascado a golpes, para poder leva-lo mosto pola noite coa súa luz. 3 Deixaron pois Dafnis e Cloe as cabras e as ovellas para se botar unha man un ó outro. El carretaba acios nos paxos e, botándoos nos lagares, pisábaos e levaba o viño ós bocois. Ela amañáballe-la comida ós vendimadores e, para beber, gardáballe-lo viño máis vello e vendimaba as uvas máis baixas. 4 Pois en Lesbos toda a videira é baixa, non da que está polo alto nin da que agatuña polas árbores, senón da que espalla os sarmentos por abaixo e inza coma a hedra. Ata un neno chegaría a un acio, ceibadas hai pouco as súas mans dos vurullos.

2.1 Como era natural na festa de Dioniso e do nacemento do viño, as mulleres chamadas dos campos veciños para axudar co viño, poñían os ollos en Dafnis e gababan a súa beleza por ser semellante á de Dioniso. E unha das máis rachadas bicouno, e iso provocou a Dafnis e magoou a Cloe. 2 Os que estaban nos lagares lanzábanlle a Cloe voces de moitas cores e, coma Sátiros diante dunha Bacante, saltaban con furia e pregaban volverse ovellas e ser pastoreados por ela. Así que agora era ela a que folgaba e el o que se doía. 3 Pregaban que a vendima rematase axiña e ocupa-los lugares de costume, e no sitio dos berros toscos, escoita-la frauta ou os mesmos beos das ovellas. 4 Cando, pasados poucos días, as videiras estaban vendimadas, os bocois tiñan o mosto e xa non se precisaban tantas mans, fixeron baixa-los rabaños ata a campía e, moi ledos, fóronse axeonllar ó pé das Ninfas, levándolles acios nos seus sarmentos, primicia da vendima. 5 Tampouco no tempo anterior pasaran nunca por alí con desleixo, senón que, cando comezaban o pastoreo, sempre se achegaban, e cando voltaban do pastoreo, axeonllábanse e tódalas veces lles levaban algo: unha flor, unha froita, unha póla verde ou unha libación de leite. 6 Por iso despois recibiron recompensas dos deuses. Pero por este tempo, cans, como quen di, ceibados das ataduras, trouleaban, tocaban a sirinxe, cantaban e pelexaban cos bodes e mais coas ovellas.

3.1 Mentres eles reloucaban, achégase un vello vestido cunha pelica, calzado con sandalias, que levaba pendurado un fardelo, e o tal fardelo era vello. Sentando cabo deles, falou así: 2 "Eu son, rapaces, o vello Filetas, que tanto cantei a estas Ninfas e tanto toquei a frauta para aquel Pan e guiaba só coa miña música un gran rabaño de vacas. Veño para vos amosar canto vin e para vos anunciar canto escoitei. 3 Teño unha horta que, dende que deixei de ser pastor por culpa da vellez, traballei coas miñas mans, collendo dela en cada tempada todo canto as tempadas traen: 4 na primavera rosas, lirios, xacintos e violetas de dúas clases, no verán mapoulas, peras e toda clase de mazás, agora videiras, figueiras, granados e mirtos verdes. 5 Nesta horta véñense xuntar pola mañanciña bandadas de paxaros, uns na procura da mantenza, outros para cantar, xa que está cuberta, sombría e regada por tres fontes. Se un derrubase a sebe darredor, crería ver un bosque".

4.1 "Cando entraba hoxe polo mediodía, aparece á miña vista, debaixo dos granados e dos mirtos, un neno que levaba froitos dos mirtos e granadas, branco coma o leite, loiro coma o lume, resplandecente como bañado de hai pouco. Estaba espido e só. Xogaba coma se recolleitase en horta propia. 2 Eu fun atrás del para pillalo, por medo a que, na súa fachenda, tronzase os mirtos e mailos granados. Pero el fuxía con bulideza e facilidade, unhas veces correndo debaixo das roseiras, outras agachándose debaixo das mapoulas, coma un pitiño de perdiz. 3 Moitas veces pasei traballos perseguindo cabuxos de leite, moitas veces me cansei correndo atrás dos cuxos recén paridos, pero este era unha cousa bulideira e imposible de cazar. Cansado, como vello que son, arrimándome ó bastón e vixiando ó mesmo tempo que non fuxise, pregunteille de quen dos veciños era e con que idea recolleitaba en horta allea. 4 El non respondeu, senón que, parado alí cerca, ría solermiño e lanzaba mirtos contra min e non sei como me enfeitizou para acalma-la miña carraxe. Eu pedinlle que viñese ás miñas mans xa sen temer nada e xureille polos mirtos que o deixaría marchar, dándolle ademais mazás e granadas, e que sempre lle ía permitir recolle-los froitos e apaña-las flores, se obtiña del un único bico".

5.1 "Entón, rindo abertamente, emitiu unha voz como non a ten a andoriña nin o reiseñor nin o cisne, aínda que chegase a ser tan vello coma min: ‘a min, Filetas, bicarte non me costa ningún traballo. Pois teño eu máis arela de que me biquen ca ti de te volver novo. Pero mira se o regalo che vai coa idade. 2 Non che valerá de nada a vellez para non me perseguir despois deste único bico. Son malo de cazar para un falcón e para unha aguia e mesmo se hai algún outro paxaro máis lixeiro ca eles. Abofé non son un neno, aínda que pareza un neno; ó contrario, son máis vello ca Crono e mesmo ca todo o tempo. 3 Ben sei que ti, cando mozo, pastoreabas naquela lomba a túa cumprida peada e eu ficaba á túa beira, mentres ti tocába-la frauta ó pé daquelas aciñeiras, cando namorabas a Amarilis. Pero ti non me vías, aínda que me puxese ben cerquiña da túa moza. Eu dei- cha e xa tes fillos, bos vaqueiros e labregos. 4 Agora son pastor de Dafnis e mais de Cloe. E cada vez que os xunto pola mañanciña, veño á túa horta e deléitome coas flores e coas plantas e báñome nas fontes. Por iso son fermosas as flores e mailas plantas, porque están regadas cos meus baños. 5 Mira se está tronzada algunha póla, se che colleron algunha froita, se a raíz dalgunha flor está amagallada, se algunha fonte está toldada e alédate porque e-lo único home que viu este meniño na súa vellez’.

6.1 "Logo de dicir isto, ergueuse sobre os mirtos coma un pitiño de reiseñor, e indo de rama en rama polo medio das follas, gabeou ata o cotoriño. Vinlle entón ás nos ombreiros e un arquiño entre as ás e os ombreiros e logo xa non vin nada disto nin a el. 2 Se non me naceron en balde estas canas e coa vellez non teño o siso máis aparvado, a Amor, rapaces, estades consagrados e Amor mira por vós".

7.1 Compracéronse moito, coma se escoitasen unha fábula e non un relato, e preguntaban qué era Amor, un neno ou un paxaro, e cal era o seu poderío. De novo falou Filetas: "Amor é un deus, rapaces, novo, fermoso e voandeiro. Por iso é que se alegra coa xuventude, persegue a beleza e pon ás nas almas. 2 Pode o que non pode Zeus. Ten dominio sobre os elementos, ten dominio sobre os astros, ten dominio sobre os deuses, seus semellantes: nin vós tedes tanto dominio sobre as cabras e sobre as ovellas. 3 Tódalas flores son obra de Amor. Estas plantas son creación del. Por el flúen os ríos e sopran os ventos. 4 Tamén vin eu un touro namorado, e bruaba coma se o picase un tabán, e un bode que amaba a unha cabra e que a seguía a tódolos sitios. Eu mesmo fun novo e estiven namorado de Amarilis. Nin me lembraba da comida nin cataba a bebida nin collía o sono. 5 Doíame a alma, latexábame o corazón, tiña o corpo estalecido. Berraba coma se me mallasen, calaba coma se estivese morto, mergullábame nos ríos coma se ardese. 6 Invocaba a axuda de Pan, porque tamén el estivo namorado de Pitis. Louvaba a Eco porque chamaba o nome de Amarilis atrás de min. Crebaba as frautas porque enfeitizaban as miñas vacas, pero non traían a Amarilis. 7 Pois non hai remedio para Amor, nin que se beba nin que se coma nin que se conte en cantigas, a non ser bico e aperta e deitarse xuntos cos corpos espidos".

8.1 Filetas, despois de dar tal lección, marcha con algúns queixos e un cabrito xa con cornos como regalo deles. Cando quedaron sós e despois de escoitaren por primeira vez o nome de Amor, as súas almas esmoreceron co padecemento e pola noite, de volta ós seus cortellos, comparaban as súas experiencias co que escoitaran: 2 "Sofren os namorados, tamén nós. Desdéixanse no mesmo que nós nos desdeixamos. Non poden durmir: tamén iso nos pasa agora a nós. Cren arder e tamén en nós hai lume. Devecen por se veren: por iso é polo que pregamos que veña o día máis axiña. 3 Abofé isto é o amor e amámonos sen sabelo. Se isto é o amor e eu o namorado, ¿por que sufrimos así e por que nos buscamos un ó outro? Verdadeiro é todo o que dixo Filetas. 4 O neno da horta apareceulles ós nosos pais naquel souto e mandou que nós pastoreasémo-los rabaños. ¿Como pillalo? É pequeno e escapará. ¿E como escapar del? Ten ás e pillaranos. 5 Cómpre correr onda as Ninfas buscando o seu auxilio. Pero tampouco axudou Pan a Filetas cando estaba namorado de Amarilis. Hai que procurar cantos remedios dixo, bico e aperta e deitarse espidos no chan. Vai frío, pero aturarémolo, a exemplo de Filetas".

9.1 Tal é a súa escola nocturna. E cando ó día seguinte levaron os seus fatos ó pasteiro, ó se veren, bicáronse mutuamente, o que nunca antes fixeran, e enlazando os brazos, apertáronse. Pero demoraban o terceiro remedio, deitarse espidos, pois era abondo ousado, non só para doncelas senón tamén para cabreiros mozos. 2 E outra vez a noite coa vixilia e a memoria do acontecido e o reproche do que quedara sen facer. "Bicámonos e non valeu de nada. Apertámonos e case nada máis. Daquela deitarse é o único remedio do amor. Hai que probar tamén iso. Seguramente niso haberá algo mellor que nun bico".

10.1 Despois de tales matinacións, como é natural, tamén os soños que viron foron de amor, de bicos e apertas. E canto non fixeran polo día, fixérono en soños: deitábanse espidos un co outro. 2 Así, ó día seguinte, erguéronse aínda máis posuídos polo deus e nun asubío levaron os rabaños cobizosos dos bicos. E, ó se veren, botaron a correr cun sorriso. 3 E logo viñeron os bicos e seguiu o se arrodear cos brazos, pero o terceiro remedio demorábase, porque non se atrevía Dafnis a mentalo nin quería Cloe comezar, ata que cadrou que tamén iso fixeron.

11.1 Sentados na coza dunha aciñeira, un cerca do outro, gustando da delicia dos bicos, non se daban fartado de pracer. As apertas dos seus brazos preludiaban a estreita unión das bocas. 2 Na presión destes abrazos, nun momento no que Dafnis a atrae con máis forza, Cloe recóstase un pouco de lado. Tamén el se deixa caer con ela, seguíndoa no bico. E recoñecendo a imaxe dos soños, estiveron deitados durante moito tempo coma se os atasen. 3 Como non sabían nada do que viña logo e pensaban que isto era o cumio do pracer amoroso, despois de pasar en balde o máis do día, separáronse e levaron de volta os rabaños, cheos de xenreira contra a noite. Se cadra terían feito algo do de verdade, se non caese sobre toda aquela campía un balbordo coma este.

12.1 Uns mozos ricos de Metimna que determinaron adica-la tempada da vendima a folgar fóra da casa, botando un barco pequeno e poñendo os serventes de remeiros, navegaban á cabotaxe ó longo dos campos de Mitilene que estaban a carón do mar. 2 Pois a beiramar ten bos portos e está enfeitada con pazos pomposos e continuos sitios de baño e hai parques e fragas: uns son obras da natureza, outros habelencias de homes e todos fermosos para deleite dos novos. 3 Mentres navegaban á cabotaxe e atracaban, non facían ningún mal e folgaban con brincadeiras diversas, unhas veces pescando, dende un penedo prominente, peixes das rochas con anzois pendurados da fina liña das canas, outras pillando con cans e redes as lebres que fuxían do barullo das videiras. 4 Interesáronse tamén pola caza de paxaros e colleron con panterlos gansos bravos, parrulos e avetardas, de xeito que o deleite tamén lles proporcionaba proveito para a mesa. Se algo precisaban, obtíñano das xentes dos campos, pagando máis óbolos do que valía. 5 Só necesitaban pan, viño e teito. Pois, coa tempada de outono xa comezada, non lles parecía seguro ficar no mar. De maneira que tamén arrousaban o barco ata a terra por medo a unha noite de invernía.

13.1 Un dos labregos, que para erguer unha pedra que espremese os acios pisados precisaba dunha corda, xa que a anterior esgazara, foi ata o mar ás agachadas e achegouse ó barco, que quedara sen vixilancia, desatou a amarra e, levándoa á súa casa, empregouna para o que precisaba. 2 Pola mañanciña, os rapaces de Metimna andaban a buscaba-la amarra e —como ninguén declaraba o roubo— logo de lles facer algún reproche ós seus hospedeiros, saíron a navegar. Despois de costear trinta estadios, fondean xunto ós campos nos que vivían Dafnis e mais Cloe, porque lles parecía que a camposa era boa para a caza das lebres. 3 Pero non tiñan corda para ata-la amarra, así que torcendo un longo vimbio verde para facer unha corda, ataron con ela o barco á terra dende o extremo da popa. Despois de ceiba-los cans para que uliscasen, estenderon redes nos sitios dos camiños que lles parecían axeitados. 4 Pero os cans, correndo e a ladridos, escorrentaron as cabras. E estas deixaron as montañas e lanzáronse ata preto do mar. Como na area non tiñan nada que comer, achegándose ó barco as máis afoutadas delas comeron o vimbio verde co que estaba atada a nave.

14.1 Había tamén algo de maraxe no mar, con vento que sopraba das montañas. Así que, de seguida, o devalo das olas arrastrou o barco desatado e levouno ata o mar ancho. 2 Cando os de Metimna se decataron, uns corrían cara ó mar, outros acadaban os cans, e todos berraban, de maneira que, ó escoitalos, se xuntaron tódolos dos campos veciños. Pero non valeu de nada, porque, ó acrece-lo vento, o barco foi levado pola ralleira cunha rapidez irresistible. 3 Os metimnenses, ó se veren desposuídos de non poucos bens, buscaron o pastor das cabras e, cando atoparon a Dafnis, mallaron nel e espírono. E ata houbo un que quitou unha trenla e lle torceu os brazos para atalo. 4 E el berraba mentres o mallaban e pregáballe ós campesiños e chamaba no seu auxilio de primeiros a Lamón e a Driante. Enfrontáronse estes, vellos endurecidos e de brazos enfortecidos polos labores dos campos, e demandaron que se celebrase un xuízo sobre as cousas acontecidas.

15.1 Como tamén os outros eran do mesmo parecer, poñen como xuíz a Filetas, o vaqueiro, pois era o máis vello dos presentes e tiña sona de extraordinaria ecuanimidade entre os aldeáns. Primeiro fixeron a acusación os metimnenses, con clareza e concisión, xa que tiñan por xuíz un vaqueiro. 2 "Viñemos a estes campos coa idea de cazar. Deixámo-lo barco na beiramar atado cun vimbio verde e nós, cos cans, andabamos a buscar caza. Nisto que as cabras deste baixan ata o mar, comen o vimbio e ceiban o barco. 3 Xa o viches arrastrado polo mar, ¿de cantos bens pensas que vai cheo? ¿Canta roupa se perdeu, canto equipamento de cans, cantos cartos? Con eles poderíanse mercar estas campas. En troques disto, temos mentes de levar a este, que é un mal cabreiro que pastorea as cabras á beira do mar coma un mariñeiro".

16.1 Tales foron as acusacións dos metimnenses. Dafnis estaba brizado pola malleira, pero, cando viu a Cloe ó seu lado, esqueceu todo e falou así: "Eu pastoreo as cabras con moito xeito. Nunca un aldeán me acusou de que unha cabra miña trincara na súa horta ou tronzara os gromos dunha videira. 2 Estes son malos cazadores e teñen mal adestrados os cans, que, correndo tanto e ladrando forte, as perseguiron coma lobos dende as montañas e as campas ata o mar. 3 ¡Que comeron o vimbio!: porque na area non tiñan nin herba nin albedro nin tomiño. ¡Que se perdeu o barco co vento e co mar!: iso é cousa da invernía, non das cabras. ¡Que ía dentro roupa e cartos!: ¿e quen con siso crerá que un barco con tales cousas tiña un vimbio como amarra?".

17.1 Despois disto Dafnis deu en chorar e moveu ós labregos a unha fonda compaixón, así que Filetas, o xuíz, xurou por Pan e polas Ninfas que Dafnis non incorrera en delicto algún, nin tampouco as cabras, pero si o mar e mailo vento, dos que outros eran xuíces. 2 Non convenceu Filetas coas súas verbas ós metimnenses, senón que estes, levados pola carraxe, arrastraban de novo a Dafnis e querían atalo. 3 Entón os da aldea, alporizados, pinchan enriba deles coma estorniños ou grallas, e axiña lles arrebatan a Dafnis, que xa pelexaba tamén pola súa conta, e axiña os fan fuxir zoupándolles con paos. E non marcharon ata que os botaron dos seus lindeiros a outros campos.

18.1 Mentres aqueles perseguían ós metimnenses, Cloe, en total aquedanza, leva a Dafnis onda as Ninfas, lávalle a cara, ensanguentada por unha labazada que lle partira o nariz, e sacando do fardelo un anaco de pan lévedo e un cacho de queixo, dállos a comer. E sobre todo fixo que el se restablecese cun bico doce coma o mel que lle deu cos seus tenros beizos.

19.1 Esta vez a desgracia de Dafnis chegou ata aquí. Pero o asunto non parou aí, senón que os metimnenses, cando chegaron á súa casa con moitos traballos, camiñantes en vez de mariñeiros, feridos en vez de cheos de molicia, reuniron a asemblea dos cidadáns, e depositando os obxectos de súplica, imploraban vinganza, 2 sen dicir nin unha verdade, para non parecer ridículos por teren aturado tantas e tales ofensas dos pastores, senón inculpando ós de Mitilene de lles arrebata-lo barco e de lles rouba-las súas propiedades, como é costume na guerra. 3 Déronlles creto polas feridas e como consideraron xusto vingar a uns rapaces das primeiras familias da cidade, decretaron guerra sen heraldo contra os de Mitilene. Deron orde de que o comandante botase dez naves e estragase a costa destes, pois, ó estar preto o inverno, non era seguro confiarlle ó mar unha frota máis grande.

20.1 Mesmo ó día seguinte, saíu este ó mar e con soldados remeiros navegou contra os campos costeiros de Mitilene. E roubou moitos rabaños e moito trigo e viño, pois pouco había que rematara a vendima, e non poucos homes de cantos traballaban alí. 2 Navegou tamén contra os campos de Cloe e mais de Dafnis e, facendo un desembarco súpeto, levou como botín o que se lle poñía diante. Pero Dafnis non andaba a pastorea-las cabras, senón que subira ó souto e demoucaba a fronde verde para poder alimenta-los cabritos no inverno. De modo que, cando viu dende arriba o ataque, agachouse no trobo oco dunha faia seca. 3 Pero Cloe estaba cos rabaños e, perseguida, acorre suplicante onda as Ninfas e pide que polas deusas respecten as que ela pastoreaba e a si mesma. Pero de nada lle valeu, pois os metimnenses, logo de encher de aldraxes moitas das estatuas, levaron as cabras e conducírona tamén a ela, coma se fose unha cabra ou unha ovella, xostregándoa con vimbios.

21.1 Coas naves xa ateigadas de presa de todas clases, decidiron non navegar xa máis alá, senón face-la travesía cara á casa, por medo á invernía e mais ós inimigos. Así, eles navegaban brizados de remar, porque non había vento. 2 Cando voltou a tranquilidade, Dafnis foi á chaira onde eles pastoreaban e, como non viu as cabras nin atopou as ovellas nin achou a Cloe, senón unha gran soidade e tirada a frauta coa que Cloe se deleitaba a cotío, 3 corría con fortes berros e laios lastimeiros xa ata a aciñeira onde pousaban, xa ata o mar para vela, xa ata as Ninfas onde ela acorrera cando a raptaban. Unha vez alí, botouse na terra e reprocháballes ás Ninfas a súa traición.

22.1 "¿Arrebataron a Cloe do voso lado e aturastes velo? ¿A que vos tecía coroas, a que vos facía libacións co primeiro leite e da que tedes vós a sirinxe como ofrenda? 2 Nin tan sequera unha cabra me arrafañou o lobo, en cambio os inimigos o rabaño e a que pastoreaba comigo. Esfolan as cabras e sacrifican as ovellas e Cloe vivirá nunha cidade dende agora. 3 ¿Que pés me levarán diante do meu pai e mais da miña nai sen as cabras, sen Cloe, sen traballo? Xa non teño nada que pastorear. 4 Agardarei aquí deitado a morte ou outra guerra. ¿Pásache tamén a ti, Cloe, o mesmo? ¿Lémbraste desta chaira, destas Ninfas e mais de min? ¿Ou danche ánimos as ovellas e mailas cabras que están prisioneiras contigo?".

23.1 Despois de dicir estas cousas, por mor das bágoas e da anguria apodérase del un fondo sono. E ve unhas mulleres medio espidas e descalzas, coas cabeleiras soltas e semellantes ás estatuas. 2 Primeiro pareceron apiadarse de Dafnis; logo a máis vella dille dándolle azos: "Non nos fagas reproches, Dafnis, porque Cloe nos importa máis a nós que a ti. Nós tivemos compaixón dela cando era unha meniña e criámola mentres estivo deitada nesta cova. 3 Ela non ten nada en común con estas camposas nin coas ovelliñas de Driante. E agora nós xa temos pensado o que ten que ver con ela: que non a leven a Metimna como escrava nin sexa parte dun botín de guerra. 4 E a aquel Pan que fica ó pé do piñeiro, a ese que vós nunca honrastes nin sequera con flores, pedímoslle que sexa valedor de Cloe, pois está máis afeito ca nós ós campamentos e loitou en moitas guerras deixando os lares campesiños. Marchará contra os metimnenses un inimigo nada doado. 5 Non teñas pena, érguete e preséntate a Lamón e mais a Mírtale, que xacen en terra tamén eles crendo que ti es parte do botín. Cloe virá mañá coas cabras e coas ovellas e pastorearedes xuntos e tocaréde-la frauta xuntos. Das outras cousas vosas coidará Amor".

24.1 Logo de ver e escoitar tales cousas, Dafnis, saíu cun brinco do sono e, chorando ó mesmo tempo de ledicia e de dor, axeonllouse ó pé das estatuas das Ninfas e prometeu, unha vez salvada Cloe, sacrifica-la mellor das súas cabras. 2 E correndo tamén ata o piñeiro onde ficaba a estatua de Pan, con patas de cabra e cornos e unha frauta nunha man e un macho cabrío brincando na outra, axeonllouse tamén ante el, rogoulle por Cloe e prometeu sacrificar un bode. 3 Cando, ó devalo do sol, a duras penas deixou de chorar e pregar, apañou as pólas que cortara e voltou á cortella e, despois de arreda-las mágoas da casa de Lamón, enchéndoa de ledicia, 4 petiscou algo de alimento e deuse ó sono, e a este non lle faltaron bágoas, pois pregaba ver de novo as Ninfas no soño e pregaba que viñese axiña o día no que lle prometeran a Cloe. De tódalas noites aquela pareceulle se-la máis longa. Nela pasaron estas cousas.

25.1 O comandante dos de Metimna, logo de se alonxar cousa de dez estadios, quixo que os soldados, brizados polo ataque, se restablecesen. 2 Deu cun promontorio que entraba no mar e se estendía coma unha media lúa e, dentro del, o mar facía un ancoradoiro máis bonanceiro cós portos. Alí, fondeando as naves coas áncoras no medio do mar, para que ningún labrego dende a terra estragase algunha delas, deixou ós metimnenses no pracer da paz. 3 Cunha chea de cousas de tódalas clases procedentes da rapina, deron en beber e folgar, imitando unha festa de triunfo. Xa mesmo remataba o día e chegaba o pracer ata a noite cando, de súpeto, a terra toda pareceu lostregar cun lume e escoitouse unha batuxada balbordante de remos, coma se viñese polo mar unha frota enorme. 4 Un berraba que se armasen, outro chamaba ó comandante e algún cría estar mancado e xacía coa facha dun morto. Parecera verse unha batalla nocturna sen presencia de inimigos.

26.1 Logo de pasar semellante noite, veulles un día moito máis arrepiante cá noite. Os bodes de Dafnis e mailas cabras levaban nos cornos hedra cos seus corimbos e os carneiros e mailas ovellas de Cloe ouveaban ouveo de lobos. 2 Tamén ela apareceu coroada de piñeiro. Aconteceron igualmente no mesmo mar moitos prodixios. As áncoras, cando tentaban levalas, quedaban no fondo, os remos, cando os estendían para remar, crebaban, e golfiños, que saltaban dende o mar e golpeaban as naves coas colas, desartellaban as xunturas. 3 Escoitábase tamén, procedente do picouto enfesto que había enriba do promontorio, o toque dunha frauta. Pero non deleitaba coma unha frauta, senón que, coma unha trompeta, estarrecía ós que a escoitaban. 4 Abofé estaban atordados e corrían ás armas e chamaban inimigos ós que non vían, de modo que imploraban que viñese de novo a noite, coma se nela fosen atopar tregua. 5 Pero os acontecementos eran comprensibles para calquera de bo xuízo: que as pantasmas e os sonidos procedían de Pan, enrabechado por algo cos mariñeiros. Pero non podían entende-la razón —pois non fora saqueado ningún templo de Pan— ata que, contra o mediodía, o comandante cae nun sono, non sen axuda divina, e apareceulle o mesmo Pan dicindo así:

27.1 "Ouh os máis sacrílegos e impíos de todos, ¿como nas vosas mentes entolecidas vos atrevestes a isto? Enchestes de guerra as campías tan queridas para min e arramplastes cos rabaños de vacas, de cabras e mais de ovellas que eu protexía. 2 Arrincastes dos altares unha doncela da que Amor quere facer unha lenda. Nin respectastes ás Ninfas que vos miraban, nin a min, a Pan. Abofé que nunca veredes Metimna mentres andedes a navegar con tal botín, nin escaparedes desta frauta que vos atordou. 3 Afundireivos e farei de vós pasto de peixe, se non lles devolvedes axiña ás Ninfas a Cloe e os rabaños de Cloe, as cabras e mailas ovellas. Así que érguete e fai desembarca-la rapaza coas cousas que che dixen. Eu serei o voso guía, para ti da túa navegación, para ela do seu camiño".

28.1 Moi alterado, Briaxis —pois así se chamaba o comandante— levántase dun brinco e, chamando ós capitáns das naves, déulle-la orde de buscar de contado a Cloe entre os prisioneiros. 2 Estes atopárona inmediatamente e levárona á vista del, pois ela estaba sentada coroada con piñeiro. Como supuxo que tamén isto era un sinal da visión que tivera en soños, levouna á terra na mesma nave capitana. 3 Recén ela desembarcara, escóitase de novo, procedente do picouto, o toque dunha frauta, pero xa non guerreiro e arrepiante, senón pastoril e semellante ó que conduce os rabaños ó pasto. E as ovellas baixaban correndo pola pasarela, esvarando sobre a parte córnea dos pezuños, e as cabras con moita máis lixeireza, afeitas como estaban a aganchar polos alpeiros.

29.1 E póñense estas arredor de Cloe en círculo, coma un coro, choutando e beando e con iguais mostras de ledicia. Por contra, as cabras dos outros cabreiros e as ovellas e as vacadas ficaban no seu sitio na cala da nave, coma se a melodía non as chamase. 2 Cando todos estaban abraiados e louvaban a Pan, amosáronse en ámbolos dous elementos cousas máis prodixiosas ca estas. 3 As naves dos de Metimna navegaban antes de levar áncoras e un golfiño, saltando dende o mar, guiaba a nave capitana. Un toque de frauta moi doce guiaba as cabras e mailas ovellas e ninguén vía ó que a tocaba, de maneira que as ovellas e as cabras avanzaban ó mesmo tempo que pastaban compracidas coa música.

30.1 Era arredor da hora do segundo pasto cando Dafnis, ó ver dende unha atalaia elevada os rabaños e mais a Cloe, berrando forte "¡ouh Ninfas e Pan!", baixou correndo ata a camposa, apertou a Cloe e caeu esvaecido. 2 Dificilmente revivido por Cloe cos seus bicos e coa quentura das súas apertas, vai ata a aciñeira de costume e, sentando a carón do tronco, preguntoulle como liscara de semellantes inimigos. 3 Contoulle ela todo: a hedra das cabras, o ouveo das ovellas, o piñeiro que florecera na súa cabeza, o lume na terra, o balbordo no mar, os dous toques de frauta, o de guerra e o de paz, a noite arrepiante, cómo a ela, que descoñecía o camiño, a guiara polo camiño unha música. 4 Cando Dafnis recoñeceu o soño das Ninfas e os feitos de Pan, cóntalle tamén el canto vira e canto escoitara: que cando estaba a piques de morrer viviu gracias ás Ninfas. 5 E mándalle traer ós da casa de Driante e mais de Lamón e canto se precisa para un sacrificio. El, entre tanto, colleu a mellor das súas cabras, púxolle coroa de hedra, mesmamente como as viran os inimigos e, despois de lle verquer leite polos cornos, sacrificóullela ás Ninfas e, pendurándoa, esfolouna e ofreceu o pelello.

31.1 Cando xa estiveron presentes os que viñan con Cloe, prendeu o lume, e cocendo unha parte da carne e asando outra, ofreceu as primicias ás Ninfas e fixo libacións dunha crátera chea de mosto. Esparexeu pola terra leitos de follasca e logo deuse á comida, á bebida e ás brincadeiras. Pero ó mesmo tempo vixiaba os rabaños, non fose ser que atacase un lobo e fixese o traballo dos inimigos. 2 Cantaron tamén algúns cantos ás Ninfas, obras de antigos pastores. Cando chegou a noite, durmiron alí no campo e, ó día seguinte, lembráronse de Pan e, coroando con piñeiro o macho cabrío que dominaba no rabaño, achegárono ó piñeiro, verqueron viño por riba del, e mentres bendicían o deus, sacrificáronllo, pendurárono e esfolárono. 3 E, logo de asar e coce-las carnes, puxéronas cerca, no prado, sobre a follasca. O pelello cos cornos prendérono do piñeiro, a rentes da estatua, ofrenda pastoril a un deus pastoril. Ofrecéronlle tamén as primicias da carne e fixeron libacións dunha crátera máis grande. Cantou Cloe e Dafnis tocou a frauta.

32.1 Despois disto, comían reclinados. E comparece diante deles Filetas o vaqueiro, que cadrou que traía unhas coroas para Pan e algúns acios aínda entre follas e sarmentos. Atrás del viña Títiro, o máis novo dos seus fillos, un rapaciño de cabelo rubio, ollos gazos, pel branca e boa fachenda e que, ó andar, brincaba lixeiro coma un cabrito. 2 Erguéronse pois e foron con el ofrece-las coroas a Pan e penduraron os sarmentos das ramas do piñeiro e, facéndoo recostar á beira deles, convidárono ó seu banquete. 3 E coma vellos un pouco achispados, contábanse uns ós outros moitos contos: cómo pastoreaban cando eran novos, cómo escaparan a moitos ataques de piratas. Un fachendeaba de que matara un lobo, outro de ir mesmo atrás de Pan na arte de toca-la sirinxe: esta era a galanía de Filetas.

33.1 Dafnis e Cloe teimaban en pedirlle que os deixase participar tamén a eles da súa arte e que tocase a sirinxe na festa dun deus que goza coa sirinxe. Accede Filetas, aínda que lle reprocha á vellez non ter folgos, e colle a sirinxe de Dafnis. 2 Pero esta era pequena para a súa grande arte, porque fora feita para que soprase por ela a boca dun neno. Manda a Títiro pola súa sirinxe ó seu cortello, que distaba dez estadios. 3 Este tirou o paxelo e, medio espido, botou a correr coma un cerviño. Lamón propuxo referírlle-la lenda sobre a sirinxe que lle contara un cabreiro siciliano polo prezo dun macho cabrío e unha sirinxe.

34.1 "Esta sirinxe, o instrumento, non era tal instrumento, senón unha doncela linda e de voz melodiosa. Pastoreaba cabras, xogaba coas Ninfas, cantaba como agora. Cando ela estaba a pastorear, xogando e cantando, achegóuselle Pan e, tentando convencela do que el desexaba, prometeulle que tódalas cabras ían traer dous cabritos. 2 Ela ríase do amor del e dicía que non admitiría un namorado que non era nin bode nin home cumprido. Botouse Pan a acosala pola forza. Sirinxe fuxía de Pan e da súa violencia. Cansada de fuxir, agóchase nunhas canas e desaparece nun lagumeiro. 3 Pan corta con carraxe as canas e, como non atopa a rapaza, caendo na conta do acontecido, imaxina o instrumento e artella con cera as canas desiguais o mesmo que desigual foi o seu amor. E a que noutro tempo foi doncela fermosa, agora é sirinxe musical".

35.1 Recén acabara Lamón de relata-la lenda e cando Filetas estaba a gabalo por contar unha historia máis doce ca unha canción, comparece Títiro traéndolle a seu pai a sirinxe, instrumento grande de grandes canas, con ornamentos de bronce nas xunturas de cera. 2 Podería pensarse que era aquela mesma que artellara Pan por primeira vez. Ergueuse Filetas e, sentado dereito no leito, primeiro probou se o aire pasaba ben polas canas. 3 Cando verificou que o aire pasaba sen dificultade, entón soprou forte e con azos. Alguén podería pensar que escoitaba varias frautas vencelladas, tal era o son da sirinxe. Pero pouquiño a pouco tornou a violencia e cambiou a unha melodía máis doce. 4 E amosando toda a arte da música do excelente pastoreo, tocaba na sirinxe o que convén a unha peada de vacas, o que é axeitado para un fato de cabras, o que agrada ás ovellas. Doce era o das ovellas, forte o das vacas, agudo o das cabras. En suma, unha única sirinxe imitou tódalas sirinxes.

36.1 Os demais, compracidos, estaban reclinados en silencio. Pero Driante ergueuse, e pedíndolle que tocase unha melodía dionisíaca, bailoulles un baile da vendima. Unhas veces semellaba vendimar, outras levar ganaxos, despois pisa- -los acios, despois enche-los bocois e despois bebe-lo mosto. 2 Todo isto bailou Driante con tal xeito e realismo que mesmo crían ve-las videiras, o lagar e os bocois e a Driante bebendo de verdade.

37.1 Este, que foi o terceiro vello celebrado polo seu baile, bica a Cloe e mais a Dafnis. Erguéronse estes axiña e bailaron a lenda de Lamón. Dafnis imitaba a Pan, a Sirinxe Cloe. El pregaba coa idea de seducila, ela ría con indiferencia. 2 El perseguíaa e corría na puntiña dos pés imitando pezuños, ela amosaba a canseira da fuxida. Logo agóchase Cloe no souto, coma nun lagumeiro, 3 e Dafnis, collendo a sirinxe grande de Filetas, tocou un son choromiqueiro como dun namorado, apaixonado como o dun que quere seducir, insistente como o dun que anda a procurar algo, de xeito que Filetas, abraiado, érguese dun brinco e bícao e co bico regálalle a sirinxe e suplica que tamén Dafnis lla deixe a un sucesor semellante.

38.1 El, logo de consagra-la súa pequena sirinxe a Pan e de bicar a Cloe coma se a atopase despois dunha fuxida verdadeira, puxo en marcha o fato ó son da sirinxe, porque xa era noite. Tamén Cloe puxo en marcha o seu rabaño, levándoo ó son da frauta. 2 As cabras ían preto das ovellas e Dafnis camiñaba á beira de Cloe, de xeito que se saciaron un co outro ata a noite e acordaron, para o día seguinte, saca-los rabaños antes. E así o fixeron. 3 Pois, recén comezara o día, chegaron ó pasto. E logo de saudar primeiro ás Ninfas e a Pan, sentados entón ó pé da aciñeira, tocaban a frauta. Logo bicáronse, apertáronse, deitáronse e, sen facer máis nada, levantáronse. Ocupáronse tamén de comer e beberon viño que mesturaron con leite.

39.1 E medrando con todas estas cousas a súa ardentía e a súa afouteza, enredáronse en pleito amoroso e pouco a pouco chegaron a xuramentos de fidelidade. Dafnis, achegándose ó piñeiro, xurou por Pan non vivir só sen Cloe nin o tempo dun só día. 2 E Cloe, entrando na cova, xurou polas Ninfas compartir con Dafnis a mesma morte e a mesma vida. Tal sinxeleza había en Cloe, como rapaciña que era, que, ó saír da cova, tivo a ben tomar del un segundo xuramento. "Dafnis", dixo, "o deus Pan é namoradizo e infiel. 3 Namorouse de Pitis, namorouse de Sirinxe e nunca deixa de amolar ás Dríadese de poñer en apuros ás Ninfas Epimélides. O mesmo que el esquece os xuramentos, esquecerá castigarte, aínda que foses detrás de máis mulleres que canas ten a sirinxe. 4 Ti xúrame, por este fato e pola cabra aquela que te criou, non deixar a Cloe mentres ela permaneza fiel a ti. Pero se ela che falta a ti e mais ás Ninfas, fuxe dela, aborrécea e dálle morte como a un lobo". 5 Compraceulle a Dafnis a desconfianza dela e, poñéndose no medio do fato, colleu cunha man unha cabra e coa outra un bode e xurou amar a Cloe mentres ela o amase. E se ela quería mellor a outro que a Dafnis, daríase morte el no sitio dela. 6 Aledouse ela e fiou nel, coma rapaza que era e pastora, que tiña as cabras e mailas ovellas como deuses propios de pastores e cabreiros.

 

LIBRO III

1.1 Cando os mitilenenses se decataron da arribada das dez naves e algúns que chegaban dos campos os informaron da pillaxe, consideraron que era intolerable atura-los feitos dos de Metimna e ademais acordaron levantar tamén axiña as armas contra eles. 2 Enrolaron tres mil de infantería e cincocentos de cabalería e mandaron ó comandante Hípaso por terra, porque desconfiaban do mar na estación do mal tempo.

2.1 Este, ó ataque, non saqueaba os campos dos metimnenses nin rispaba os rabaños e as habenzas de labradores e pastores, por considerar que estes eran feitos de pirata máis que de adaíl. Apresurábase en cambio contra a propia cidade, coa idea de irromper polas súas portas sen guarnición. 2 Cando estaba a cousa de cen estadios, sáelle ó paso un heraldo que lle propón un armisticio. 3 Pois os metimnenses, cando souberon polos prisioneiros que os de Mitilene nada sabían do acontecido, senón que labradores e pastores actuaran así ante a insolencia dos rapaciños, arrepentíronse de se atrever contra unha cidade veciña, con arroutamento máis que con xuízo, e tiñan a teimosía de establecer relacións sen medo por terra e por mar, despois de lles volver todo o botín. 4 Hípaso, aínda que fora elixido comandante con plenos poderes, mandóulle-lo heraldo ós de Mitilene. E mentres, el, establecendo o campamento a cousa de dez estadios de Metimna, esperaba as disposicións da súa cidade. 5 Pasados dous días, chegou o mensaxeiro e mandou recolle-lo botín e voltar á casa sen causar dano; pois tendo que escoller entre guerra e paz, atopaban a paz máis proveitosa.

3.1 A guerra entre os de Metimna e os de Mitilene, que tivera un comezo inesperado, resolveuse tamén cun remate semellante. Pero para Dafnis e Cloe o inverno era máis amargo cá guerra. Pois unha nevarada abondosa que caeu súpeta pechou tódolos camiños e encerrou a tódolos campesiños. 2 Os dioivos baixaban violentos e formábanse duras capas de xeo; as árbores parecían abaixadas; a terra toda estaba oculta, agás arredor das fontes e dos regueiros. 3 Ninguén levaba o rabaño ó pasteiro nin pasaba das portas, senón que xunto a unha gran lumieira que prendían co canto dos galos, uns fiaban liño, outros tecían pelo de cabras e algúns outros preparaban con habelencia redes dos paxaros. 4 Nese tempo tíñanse que ocupar de que as vacas comesen palla na corte, as cabras e mailas ovellas follas no curral e os porcos landras e belotas nas porqueiras.

4.1 Como se lles impoñía a todos un retiro forzoso na casa, os outros labregos e pastores aledábanse de se librar dos traballos por un pouco tempo, de face-la comida da mañanciña e de durmir un sono máis longo, de xeito que a eles o inverno lles parecía máis melurento có verán, có outono e cá mesma primavera. 2 Pero Cloe e mais Dafnis, coa memoria dos praceres desdeixados, cómo se bicaban, cómo se apertaban, cómo tomaban xuntos o xantar, pasaban noites de vixilia e angurias e agardaban a tempada primaveral coma un rexurdimento da morte. 3 Magoáballes que lles viñese ás mans un fardelo, do que sacaban a comida, ou veren unha canada, da que bebían, ou unha frauta tirada con abandono, que fora regalo amoroso. 4 Pregaban ás Ninfas e mais a Pan verse liberados das desgracias e que a eles e ós seu fatos lles amosasen dunha vez o sol. E ó tempo que pregaban, procuraban un argallo para se veren. 5 Cloe estaba terriblemente sen saída e sen recursos, porque sempre andaba canda ela a que pasaba por nai súa, aprendéndolle a cardar la e a trousar no fuso e lembrándolle o casamento. Por contra Dafnis, como tiña tempo de lecer e era máis avespado ca unha rapaza, atopou esta artimaña para ver a Cloe.

5.1 Diante da masada de Driante, contra a masada mesma, medraran dous grandes mirtos e hedra, os mirtos un moi preto do outro, a hedra no medio deles, de xeito que ó reparti-la súa fronde por riba de cada un, coma unha parra, co entretecemento da follaxe facía a traza dunha cova. E o corimbo era tanto e tan grande coma o acio que pendura dos sarmentos. 2 Arredor dela había unha gran cantidade de paxaros de inverno, pola imposibilidade de acadar mantenza fóra: moito merlo, moito tordo e rulas e estorniños e cantas outras aves se alimentan de hedra. 3 Co adaxo de pillar estes paxaros, marchou Dafnis co fardelo ateigado de doces de mel e levando visco e redes para dar veracidade á súa intención. 4 A tirada non era de máis de dez estadios, pero a neve, como aínda non se derretera, causoulle unha gran canseira. Pero para o amor todo é franqueable, lume, auga ou neve escítica.

6.1 Ás alancadas achegouse á casa e, sacudindo a neve das pernas, puxo as redes e untou visco nunhas varas longas. E sentou alí, atendendo ós paxaros e mais a Cloe. 2 Paxaros viñeron moitos e quedaron atrapados suficientes como para ter mil traballos recolléndoos, matándoos e quitándolle-las plumas. Pero da casa ninguén saíu, nin home nin muller nin ave de curral, senón que todos ficaban dentro ó carón do lume, de xeito que Dafnis vacilaba por se chegara con paxaros de mal agoiro. El atrevíase, se atopaba unha escusa, a cruza-las portas e preguntábase cal dicir que fose máis verosímil: 3 "Vin prender lume. —¿Pois non había veciños nun estadio? —Vin pedir pan. —¡Pero o teu fardelo esta ateigado de comida! —Preciso un pouco de viño. —¡Pero se hai pouco que vendimaches! —Perseguíame un lobo. —¿U-las pegadas do lobo? —Vin pilla-los paxaros. —¿Por que non marchas se xa os pillaches? —Quero ver a Cloe. 4 ¿Pero quen lle confesa iso ó pai e á nai dunha moza?" Certamente había atrancos por tódolos lados: "de todos estes ningún deixa de ser sospeitoso, así que mellor será calar. Verei a Cloe na primavera, xa que, segundo parece, non é o meu destino vela no inverno". 5 Despois de tales cavilacións e collendo as presas ás caladas, ía marchar, cando, coma se Amor lle tivese compaixón, aconteceu isto:

7.1 Os achegados de Driante estaban arredor da mesa: repartíase a carne, servíase o pan, facíase a mestura na crátera. Un dos cans de garda-lo rabaño, á espreita dun desleixo, pillou un cacho de carne e fuxiu pola porta. 2 Magoado Driante —pois precisamente era o seu cacho— agarrando un pao, deu en perseguilo polas pegadas, coma un can. Mentres o perseguía, vai dar á hedra e ve a Dafnis que cargaba a caza nos ombreiros, decidido a marchar. 3 Axiña esqueceu carne e can e, berrando forte "saúde rapaz", apertouno e bicouno e levouno dentro collido do brazo. Eles, ó se veren, a pouco máis caen no chan, pero, sacando azos para se manter dereitos, saudáronse e bicáronse. E precisamente isto lles valeu de apoio para non caer.

8.1 Dafnis, que lonxe de toda esperanza atopou un bico e a Cloe, sentou a carón do lume e descargou dos seus ombreiros, sobre a mesa, as rulas e os merlos e contou cómo, anoxado polo encerro na casa, deu en cazar, e cómo pillou uns con rede e outros con visco, pola querenza que lle tiñan ós mirtos e á hedra. 2 Estes gabaron a súa acción e convidárono a comer do que o can deixara e mandaron a Cloe que lle botase de beber. E ela, compracida, serviu ós outros e, depois deles, a Dafnis, pois simulaba estar alporizada porque el, logo de vir, ía voltar sen a ver. De tódolos xeitos, antes de servilo bebeu e así llo deu despois. E este, aínda que estaba sedento, bebía a modiño, porque desa lentitude obtiña un pracer máis prolongado.

9.1 Axiña quedou a mesa baleira de pan e carne. Pero, aínda sentados, preguntáronlle por Mírtale e Lamón e consideráronos afortunados pola sorte de ter semellante acougo para a súa vellez. 2 Compracíase el coas louvanzas, porque Cloe as escoitaba, e cando o retiveron para lle ofrecer a Dioniso un sacrificio ó día seguinte, coa ledicia pouco lle faltou para os adorar a eles no sitio de Dioniso. 3 De contado sacou do fardelo moitos doces e os paxaros que cazara e amañáronos para a comida da noite. 4 Púxose unha crátera por segunda vez e por segunda vez prendeuse lume e cando presto veu a noite, fartáronse do segundo xantar e despois del, logo de contar contos e cantar algo, fóronse deitar, Cloe coa súa nai e Driante con Dafnis. 5 Para Cloe non houbo outro proveito que ver a Dafnis ó día seguinte. Dafnis gozou dun novo pracer, pois estimaba pracenteiro deitarse a carón do pai de Cloe. Así que o apertaba e o bicaba a miúdo, soñando que todo llo facía a Cloe.

10.1 Cando chegou o día, ía un frío desmedido e o vento do norte aburaba todo. Eles, ó se ergueren, sacrifican a Dioniso un cordeiro dun ano e, acendendo o lume, amañan a comida. 2 Mentres Nape facía o pan e Driante cocía o cordeiro, Dafnis e Cloe, que tiñan tempo de lecer, saíron da casa ata onde a hedra. Colocando de novo as redes e untando o visco, cazaron unha cantidade non pequena de paxaros. 3 E gozaron de bicos sen descanso e de pracenteira conversa. "Por ti vin, Cloe. —Seino, Dafnis. —Por ti fago morre-los coitados merlos. —¿Que queres que che faga? —Que penses en min. —Xa penso, por estas Ninfas, polas que un día xurei naquela cova onde iremos tan axiña como se funda a neve. —4 Pero hai moita, Cloe, e teño medo de me fundir eu antes ca ela. —¡Ánimo, Dafnis, o sol quenta! —¡Oxalá quentase tanto, Cloe, coma o lume que queima o meu corazón! —Estás de broma para me trabucares. —Non, por esas cabras polas que ti me mandaches xurar".

11.1 Mentres tales cousas lle retrucaba Cloe a Dafnis coma un eco, os que estaban con Nape chamaron por eles e entraron ás alancadas con caza máis abondosa cá da véspera. E logo de ofrece-las primicias da crátera a Dioniso, comían coas cabezas coroadas de hedra. 2 Cando foi o momento, logo de berrar ¡Iaco! e ¡Evoé!, despediron a Dafnis, despois de lle ateiga-lo fardelo de carne e pan. Déronlle tamén as rulas e os tordos para que llos levase a Lamón e Mírtale, porque xa cazarían eles outros mentres durase o inverno e non faltase a hedra. 3 E marchou Dafnis, bicando ós outros antes que a Cloe, para que o bico dela permanecese puro. E el, con diferentes argalladas, percorreu o camiño outras moitas veces, de xeito que para eles o inverno non estivo completamente falto de amor.

12.1 Cando xa comezaba a primavera e se derretía a neve, coa terra espida e agromando a herba, os outros pastores levaban os rabaños ó pasto e, antes cós outros, Cloe e mais Dafnis, porque servían a un pastor máis importante. 2 Correron de seguida ata as Ninfas e a súa cova, dende alí ata Pan e o seu piñeiro, despois ata a aciñeira e, sentando ó pé dela, pastoreaban os rabaños e bicábanse. Tamén buscaron flores co desexo de coroar ós deuses, pero case non as alimentara o Céfiro nin as fixera abrollar coa súa quentura o sol. Con todo atoparon violetas e narcisos e pimpinelas e outras primicias da primavera. 3 Cloe e mais Dafnis <colleron> o leite novo dalgunhas cabras e ovellas e derramárono mentres coroaban as estatuas. 4 Ofreceron tamén as primicias da sirinxe, como nun desafío musical ós reiseñores. Estes rechouchiaban nas fraguizas e pouquiño a pouco afinaban a súa melodía a Itis, coma se, despois dun longo silencio, rememorasen o canto.

13.1 Onde queira beaba a ovellada e por aí rebeiraban os cordeiros e, encollidos debaixo das nais, chuchaban do teto. Os carneiros perseguían ás que aínda non pariran e, cando as tiñan debaixo, montaban cadansúa. 2 Había tamén persecución de arroallos e, sobre as cabras, choutos máis afogueirados e tamén rifaban por elas. Cada un tiña conta das propias e vixiaban por se ás agachadas algunha cometía adulterio con outras. 3 Espectáculo tal empuxaría á paixón mesmo a uns vellos que o contemplasen. Pero eles, novos e ardentes, que andaban á procura do amor dende había xa moito tempo, fervían co que escoitaban, fundíanse co que vían e buscaban tamén eles algo mellor ca un bico ou unha aperta, principalmente Dafnis. 4 Pois como se fixera un mozo no encerro e no lecer do inverno, devecía polos bicos e adoecía polas apertas e en tódolos seus feitos era máis recachado e atrevido.

14.1 Pedíalle a Cloe que lle dese gusto en todo canto el quería e que xacese espida a carón del, tamén espido, máis tempo do que antes adoitaban, pois isto era o que faltaba das ensinanzas de Filetas para acha-lo único remedio de aqueda-lo amor. 2 Preguntoulle ela qué máis había ca un bico, unha aperta ou mesmamente deitarse, e qué sabía el facer cando, espido, estivese deitado con ela tamén espida; "o mesmo, dixo el, que os carneiros fan coas ovellas e os godallos coas cabras. 3 Xa ves que, despois deste acto, xa nin elas foxen deles, nin eles se cansan perseguíndoas, senón que, coma se gozasen dun pracer común, por fin pastan xuntos. Cousa doce é o acto, segundo parece, e vence a agrura do amor. 4 ¿Pero ti non ves, Dafnis, as cabras e os godallos e os carneiros e as ovellas, cómo eles o fan de pé e elas aturan de pé, brincando eles e poñendo o lombo elas? A ti paréceche ben que me deite contigo así espida, pero están máis cubertas elas polo seu pelo que eu pola roupa". 5 Quedou convencido Dafnis e durante moito tempo estivo deitado a carón dela e, como non sabía facer nada do que arelaba, faina levantar e abrázaa por detrás imitando os bodes. Pero moito máis apurado, sentou e deu en chorar por ser máis ignorante mesmo cós carneiros para os actos do amor.

15.1 Tiña el un veciño, labrador de terra propia, chamado Cromis, co corpo xa avellentado. Tiña este unha muller traída da vila, nova e garrida e demasiado melida para a vida do campo. O seu nome era Licenion. 2 Esta Licenion, como vira a Dafnis que cada día pola mañanciña pasaba coas cabras para o pasto, e contra a noite dende o pasto, cobizou conseguilo como amante poñéndolle regalos como cebo. 3 E unha vez que o colleu a el só, deulle de regalo unha sirinxe, mel en favo e un fardelo de cervo. Pero tiña receo de lle dicir algo, porque sospeitaba a súa paixón por Cloe, pois vía que estaba completamente aconchegado á rapaza. 4 Xa antes se figurara isto polos acenos e a risa, pero nesta ocasión, pola mañanciña, poñendo como escusa ante Cromis que ía onda unha veciña que estaba de parto, seguiu atrás deles e, agachada na fraguiza para non ser vista, escoitou todo o que dixeron e viu todo o que fixeron. Nin lle pasaron inadvertidos os choros de Dafnis. 5 Condoéndose das súas desgracias e estimando que se lle presentaba unha dobre oportunidade, a da salvación daqueles e a da súa propia arela, argallou isto.

16.1 Ó día seguinte, coa mesma escusa de ir onda Labe, a muller parida, comparece abertamente xunta da aciñeira na que sentaban Dafnis e mais Cloe, imitando con habelencia estar demudada: 2 "Sálvame, Dafnis —dixo—, da miña desgracia, porque un dos meus vinte gansos, o máis fermoso, mo rispou unha aguia e, como sostiña unha carga tan grande, non o puido levar polo aire ata aquel picouto enfesto, como adoita, senón que foi caer con el naquela fraguiza baixa. 3 Así que ti, polas Ninfas e por aquel Pan, entra na fraguiza —que eu soa teño medo— e salva o meu ganso e non consintas que o meu número estea incompleto. 4 Quizais mates tamén a mesma aguia e xa non vos rispará moitos cordeiros e cabritos. Entre-mentres, Cloe gardará o rabaño: as cabras coñécena ben porque sempre pastorea contigo".

17.1 Sen sospeitar nada do que ía acontecer, Dafnis érguese de contado e, collendo o caxato, segue a Licenion. E ela levouno o máis lonxe que puido de Cloe. E cando xa estiveron no máis mesto, mandouno sentar preto dunha fontela e dixo: "Amas a Cloe, Dafnis. Souben isto de noite polas Ninfas. 2 Por medio dun soño contáronme elas as túas bágoas de onte e déronme orde de te salvar, aprendéndote os actos do amor. Pois estes non son un bico nin unha aperta nin o que fan carneiros e godallos, senón estes brincos aínda máis doces cós de aquí, pois unido a eles vai un tempo de pracer máis longo. 3 Se ti queres alonxarte dos males e proba-los praceres que buscabas, ven, entrégate a min como aprendiz gorentoso, que eu cho aprenderei, compracendo a aquelas Ninfas".

18.1 Non puido Dafnis reprimirse coa ledicia, senón que como campesiño, cabreiro, namorado e novo, botándose ós seus pés, pregaba a Licenion que lle aprendese o máis axiña a arte coa que lle faría a Cloe o que el desexaba. 2 E o mesmo que se fose aprender algo grande e verdadeiramente enviado pola divindade, prometeu darlle un cabrito destetado, queixos frescos do primeiro leite e a mesma cabra. 3 Atopando Licenion no cabreiro unha xenerosidade como non esperaba, comezou a aprender a Dafnis deste xeito. Mandoulle que, tal como estaba, sentase á súa beira e que lle dese bicos no modo e coa frecuencia que adoitaba e que, ó tempo que a bicaba, tamén a apertase e se deitase no chan. 4 Cando xa estivo sentado e a bicou e se deitou, entendendo ela que el xa podía cumprir e que xa fervía, fixo que, de xacer de costas, pasase a poñerse enriba e, tendéndose ela debaixo, levouno con habelencia ó camiño buscado ata ese momento. Dende este punto xa non puxo especial coidado no descoñecido, porque a mesma natureza aprendeu o que aínda quedaba por facer.

19.1 Rematada a pedagoxía erótica, Dafnis, que aínda tiña entendemento de pastor, dispoñíase a correr cara a Cloe e a facer de seguida todo canto aprendera, coma se tivese medo de o esquecer se o demoraba. Mais Licenion detívoo e falou así: "Aínda tes que aprender tamén isto, Dafnis. 2 A min, como resulta que son muller, nada me pasou agora, porque hai tempo que outro home me aprendeu isto, collendo como pago a miña virxindade. Pero Cloe, cando se enliorce contigo nesa loita, laiará, chorará e xacerá quizais en moito sangue coma se a matasen. 3 Pero a ti que non te estarreza o sangue, senón que, cando a convenzas de que se che entregue, tráea ata esta paraxe para que, aínda que berre, ninguén a sinta, aínda que chore, ninguén a vexa, e se sangra, se lave na fonte. E lembra que fun eu antes ca Cloe a que te fixo home".

20.1 Licenion, logo de lle facer tales encomendas, marchou por outra parte da fraga, coma se aínda buscase o ganso. E Dafnis, cismando no que ela dixera, arredou a súa primeira arroutada e temía desacougar a Cloe con algo máis ca un bico ou unha aperta, porque non quería que ela berrase coma se tivese diante un inimigo, nin que chorase coma se adoecese, nin que sangrase coma se lle desen morte. 2 Pois, ó ser pouco experto, tiña medo do sangue e pensaba que o sangue sempre sae dunha ferida. Decidido a gozar con ela do que tiñan por costume, saíu da fraguiza e indo onde ela estaba sentada tecendo unha coroa de violetas, contoulle o embuste de que rispara o ganso das gadoupas da aguia e apertouna e bicouna como lle fixera a Licenion mentres gozaban, pois iso, como non tiña perigo, estáballe permitido. 3 Ela cinguiulle a cabeza coa coroa e bicou o seu cabelo como algo mellor cás violetas. E sacando do fardelo un cacho de torta de froitas e algún pan, deullo a comer e, mentres el comía, arrebatáballos ela da súa boca e así comía coma un paxaro noviño.

21.1 Mentres comían e se agarimaban máis do que comían, apareceu un barco de pescadores navegando contra a costa. Non había vento, había bonanza e decidiran remar. E remaban con azos, coa présa de levar ben conservado ata a cidade o peixe fresco para algún rico. 2 Como adoitan face-los mariñeiros para esquece-la canseira, tamén aqueles o facían mentres levantaban os remos: un, que facía de cómitre, cantaba cancións mariñeiras e os demais, coma un coro, soaban conxuntamente cando lles correspondía segundo a voz daquel. 3 Cando facían isto en mar aberto, o son esvaecíase ó se espalla-la voz con tanto aire. Pero cando pasaron ó pé dun promontorio e entraron nunha baía fonda e en forma de media lúa, o son escoitouse mellor e con claridade saían ata a terra os cantos dos remeiros. 4 Preto da camposa había unha golada fonda que, coma un instrumento, recollía nela o son e volvía unha imitación sonora de tódolos sonidos emitidos, xa a batuxada dos remos, xa a voz dos mariñeiros. Resultaba un concerto pracenteiro. Pois adiantábase o son que viña do mar e o son que viña da terra cesaba coa mesma tardanza coa que empezara.

22.1 Dafnis, sabedor do que acontecía, atendía unicamente ó mar e gozaba co barco que corría ó longo da camposa máis lixeiro ca un paxaro e tentaba conservar algunha das cancións para logo facer melodías de frauta. 2 Pero Cloe, que experimentou nesa ocasión por primeira vez o que chaman eco, miraba cara ó mar cando os mariñeiros se afoutaban, pero logo virábase cara á terra buscando ós que replicaban. 3 Cando xa pasaran e había silencio na golada, preguntoulle ela a Dafnis se tamén había mar tralo promontorio e se outro barco bordeaba a costa e outros mariñeiros cantaban o mesmo e calaban todos a un tempo. 4 Riu Dafnis con melura e bicouna con máis melura e, cinguíndoa coa coroa de violetas, comezou a contarlle a lenda de Eco, pedíndolle pola lección outros dez bicos.

23.1 "A liñaxe das Ninfas, rapaza, é abondoso, Melias, Dríades e Heleas: todas fermosas, todas amantes da música. Dunha destas foi filla Eco, mortal porque era de pai mortal, fermosa porque era de nai fermosa. 2 Foi criada polas Ninfas e aprendeu das Musas a toca-la sirinxe e a frauta, o concernente á lira e á cítara e toda clase de cantos. Así que, cando chegou á flor da donceleza, danzaba coas Ninfas e cantaba coas Musas. Fuxía de tódolos varóns, tanto homes coma deuses, porque amaba a súa donceleza. 3 Pan, como andaba alporizado coa rapaza porque envexaba a súa música e porque non alcanzaba a súa beleza, mandóulle-la tolemia a pastores e cabreiros. Estes, coma cans ou lobos, esnaquízana e tiran por toda a terra os seus membros que aínda cantaban. 4 A terra, por lles facer un favor ás Ninfas, agachou tódolos seus membros. Gardou tamén a súa música e, por desexo das Musas, deixa escapa-la súa voz e imita todo, como facía antes a rapaza: deuses, homes, instrumentos, bestas. Imita ata ó mesmo Pan tocando a sirinxe. 5 El, cando a escoita, dá un brinco e perséguea polos montes, non coa arela de a pillar, senón de saber quen é o alumno que se agacha". Logo de contar Dafnis esta lenda, non lle deu Cloe só dez bicos, senón moitísimos máis. Pois tamén repetiu Eco case as mesmas palabras, como testemuñando que non mentira en nada.

24.1 Como o sol quentaba cada día máis, porque remataba a primavera e comezaba o verán, outra vez tiñan eles praceres novos e propios do verán. 2 El nadaba nos ríos e ela bañábase nas fontes. El tocaba a sirinxe en porfía cos piñeiros, ela cantaba en retesía cos reiseñores. Cazaban grilos lareteiros, pillaban chicharras barulleiras, apañaban flores, acaneaban árbores e comían froitas. Tamén algunha vez se deitaron espidos e botaron por riba un pelello de cabra. 3 Doadamente se tería feito muller Cloe se a Dafnis non lle desacougase o sangue. Este, seguramente porque tiña medo de perde-la cabeza nalgunha ocasión, moitas veces non deixaba que Cloe quedase espida, así que ela estaba abraiada, pero dáballe vergonza pregunta-lo motivo.

25.1 Ese verán houbo tamén unha chea de pretendentes de Cloe e de todas partes viñan moitos onda Driante para pedila en matrimonio. Uns traían un agasallo e outros prometían moito se a obtiñan. 2 Nape, pola súa parte, animada por estas esperanzas, aconselláballe entregar a Cloe e non ter na casa por máis tempo unha rapaza desa idade que quizais pouco despois, andando polos pastos, perdería a donceleza e acabaría sendo dalgún dos pastores por unhas mazás ou unhas rosas; senón máis ben facela señora dunha casa, e eles, o moito que tirasen diso, gardalo para o seu propio fillo lexítimo —pois tiveran un meniño varón non había moito—. 3 Driante unhas veces quedaba engaiolado polas verbas deles —pois cada un nomeaba agasallos mellores cós propios dunha pastora—, pero outras, como a doncela era de máis categoría cós labregos que a pretendían e como, se algunha vez atopaba os seus pais verdadeiros, ían acadar moita riqueza, demoraba a resposta e dáballe tempo ó tempo en tanto se aproveitaba de non poucos agasallos. 4 A rapaza, que o sabía, estaba moi anguriada e por moito tempo tívollo agachado a Dafnis, porque non quería que sufrise. Como este teimaba e andaba a preguntar e sufría máis por non saber que o que ía sufrir cando o soubese, cóntallo todo: os pretendentes, que eran moitos e ricos, as verbas que Nape dicía apurando ó casamento, cómo Driante non o rexeitara, senón que o delongaba ata a vendima.

26.1 Con estas cousas Dafnis púxose tolo e, sentando, botouse a chorar, dicindo que morrería se Cloe xa non pastoreaba, e non el só, senón tamén as ovellas despois de teren tal pastora. Pero logo, restablecéndose, colleu azos e figurábase que ía convencer a seu pai, contábase como un dos pretendentes e tiña moitas esperanzas de gañarlles ós demais. 2 Só unha cousa o desacougaba: que Lamón non era rico; isto era o único que debilitaba a súa esperanza. Con todo decidiu pretendela e Cloe estivo de acordo. Pero non se atreveu a dicirlle nada a Lamón, en cambio, cheo de afouteza, reveloulle o seu amor a Mírtale e faloulle palabras de casamento. Ela comunicoullo a Lamón pola noite. 3 Como el tomou a mal a proposta e lle censurou que mediase entre unha filliña de pastores e un rapaz que, polas prendas de recoñecemento, prometía un gran sino e que, cando atopase os seus parentes, ía facelos libres e donos de campos máis grandes, Mírtale, por medo a que Dafnis, por amor e por ter perdido definitivamente a esperanza de casamento, se atrevese a algo mortal, contoulle outros motivos de rexeitamento. 4 "Somos pobres, neno, e precisamos unha noiva que trouxese algo máis. Eles son ricos e precisan noivos ricos. ¡Ala! convence a Cloe, e que ela convenza a seu pai de que non pida moito e que haxa casamento. Pois non hai dúbida de que tamén ela te ama e quere mellor durmir cun pobre ben parecido que cun mono rico".

27.1 Mírtale, como nunca esperou que Driante consentise con isto cando tiña pretendentes moi ricos, cría ter afastado con habelencia o casamento. Dafnis non tiña nada que lle censurar ás súas verbas. E, como lle faltaba moito do que se pedía, deu en face-lo que adoitan os namorados pobres: choraba e reclamaba de novo a axuda das Ninfas. 2 Elas, mentres el durmía pola noite, comparecen ante el coa mesma fasquía da outra vez e de novo falou a máis vella: "Do teu casamento con Cloe ten conta outro deus, pero nós darémosche agasallos que engaiolarán a Driante. 3 A nave dos rapaciños metimnenses, da que as túas cabras comeron o vimbio aquela vez, foi levada polo vento aquel día lonxe da terra, pero pola noite, como un vento mareiro escachaba o mar, foi dar á terra, contra as rochas dun promontorio. 4 Quedou esnaquizada a nave e mais moito do que ía nela, pero unha onda cuspiu un folecho con tres mil dracmas, que está acochado polas algas preto dun golfiño morto. Ningún camiñante se achegou alí, porque marchaba correndo polo cheiro da podremia. 5 Pero ti achégate, e cando te teñas achegado, cólleo, e cando o teñas collido, dállo. Abondará por agora para non parecer pobre, pero, andando o tempo, ata serás rico".

28.1 Elas, logo de dicir isto, marcharon coa noite. E ó chega-lo día, Dafnis, erguéndose dun brinco e moi ledo, nun longo asubío levou as cabras ó pasto. Despois de bicar a Cloe e de se axeonllar diante das Ninfas, baixou ata o mar, coma se quixese remollarse. E andaba pola area preto do rompente á procura das tres mil. 2 Abofé non ía facer moito esforzo, pois diante del, tirado e podre, apareceu o golfiño cun cheiro non moi bo. Empregando a podremia del como guía do seu camiño, achegouse alí axiña e, apartando as algas, atopa o folecho cheo de cartos. 3 Colleuno e gardouno no fardelo e non marchou de alí antes de bendici-las Ninfas e o mesmo mar. E aínda que era cabreiro, xa consideraba o mar máis doce cá terra, por cooperar con el na súa voda con Cloe.

29.1 Dono das tres mil, xa non demorou, senón que, coma o máis rico de tódolos homes, non só dos labregos de por alí, vai de contado onda Cloe, cóntalle o soño, amósalle o folecho, pídelle que lle garde os fatos ata a volta e corre ó encontro de Driante. E atopando a este mentres facía a malla do trigo con Nape, bótalle un discurso moi afoutado sobre o casamento. 2 "Dáme a Cloe como esposa. Eu sei facer ben a seitura e cepa-la videira e chantar plantas. Eu sei ara-la terra e abalear ó vento. E de como pastoreo o rabaño é Cloe testemuña: de cincuenta cabras que recibín fixen o dobre; e tamén criei bodes grandes e fermosos. Por contra, antes botabámo-las nosas cabras ós alleos. 3 Pero tamén son novo e un veciño que nunca mereceu as vosas requestas. Crioume unha cabra, como a Cloe unha ovella. E como teño tantas vantaxes sobre os outros, tampouco vou ser menos en agasallos. 4 Aqueles darán cabras e ovellas, unha parella de bois sarnentos e gran que non abonda nin para criar galiñas. Da miña parte velaí tedes estas tres mil. Só que isto non o saiba ninguén, nin tan sequera o meu pai Lamón". Mentres llelas daba apertábaos e bicábaos.

30.1 Eles, cando viron unha cantidade de cartos tal que sobrepasaba as súas esperanzas, declararon de contado que lle darían a Cloe e prometeron convencer a Lamón. 2 Nape, ficando alí con Dafnis, facía dar voltas ós bois e traballaba nas espigas cos mallos. Driante, logo de atesoura-lo folecho alí onde estaban gardados os obxectos de recoñecemento, vai de inmediato onda Lamón e mais Mírtale, coa idea, grandísima novidade, de lles pedi-lo noivo. 3 Atopounos tamén a eles medindo a cebada que cañaran había pouco, desanimados porque pouco lle faltaba para ser tan escasa coma a semente esparexida; consolounos, recoñecendo que a queixa era a mesma en tódalas partes. 4 Pediulles a Dafnis para Cloe e dicía que, aínda que outros lle desen moito, nada ía coller deles, senón que máis ben lles ía dar algo da súa facenda. Pois criáranse un co outro e, de ir pastorear, estaban vencellados cunha amizade que non se pode desatar doadamente e xa tiñan idade para durmir xuntos. 5 El dicía isto e aínda máis, falando así para convencelo, porque tiña a recompensa das tres mil. Lamón, que xa non podía aduci-la pobreza —porque eles non se amosaban soberbios— nin a idade de Dafnis —pois xa era un mociño— aínda así non declarou a verdade: que estaba moi por riba dun casamento tal; e logo de calar por pouco tempo, respondeu así.

31.1 "Actuades con xustiza querendo mellor ós veciños que ós forasteiros e non considerando a riqueza mellor ca unha pobreza nobre. Que Pan e as Ninfas vos amen por iso. 2 Tamén eu teño afán neste casamento. Pois estaría tolo se agora que xa son vello e preciso de mellores mans para as labouras, non considerase un gran proveito emparentar coa vosa casa. 3 Tamén Cloe é merecente de moitas solicitudes, unha rapaza bonita, vizosa e boa en todo. Pero eu, como son escravo, non teño nada meu, así que cómpre que o meu señor, unha vez que saiba isto, consinta. ¡Ala¡, delonguémo-lo casamento ata o outono. 4 Pois os que chegaron dende a vila ata nós, din que el virá nese tempo. Entón serán marido e muller. Que se amen agora coma irmáns. Tes que saber só isto, Driante: interésaste por un rapaciño que é máis ca nós". Logo de dicir isto, bicouno e convidouno a beber, porque xa estaban no pino do mediodía, e acompañouno un pouco con todo cumprimento.

32.1 Driante, que escoitou non sen atención as derradeiras palabras de Lamón, matinaba consigo mesmo, mentres ía de camiño, quen sería Dafnis: "Foi criado por unha cabra, coma se os deuses o coidasen. É fermoso e non ten parecido cun vello esnachado e unha muller calva. Dispuxo de tres mil, o que nin en peros é verosímil que teña un cabreiro. 2 ¿Seica tamén a este o expuxo alguén, como a Cloe? ¿Seica tamén a este o atopou Lamón como eu a aquela? ¿Seica tamén á súa beira había obxectos de recoñecemento coma os atopados por min? Se isto é así, ¡Señor Pan e Ninfas queridas!, quizais el, se descobre os seus pais, tamén descubrirá algo dos segredos de Cloe". 3 Tal foi cavilando consigo mesmo e soñando ata a eira. Cando chegou alí, atopou a Dafnis en suspense polas noticias, animouno chamándolle xenro, anuncioulle que o casamento se celebraría no outono e deulle a man dereita como sinal de que Cloe non será de ningún outro, agás de Dafnis.

33.1 Con máis lixeireza có pensamento, sen beber nin comer, baixou Dafnis correndo onda Cloe. Atopouna muxindo e facendo queixos e deulle a boa nova da voda e, como futura esposa súa, bicábaa sen se agachar e compartía con ela o traballo. 2 Muxía o leite nas canadas, metía os queixos nos canizos, achegaba ás nais os años e mailos cabritos. Cando isto estivo feito, laváronse, comeron, beberon e deron unha volta buscando froita en sazón. 3 Había moita fartura pola fertilidade da estación: moitos peros, moitas peras e moitas mazás; unhas xa estaban caídas, pero outras aínda nas árbores; as da terra con máis arrecendo, as das ramas máis florecentes; aquelas arrecendían coma o viño, estas lostregaban coma ouro. 4 Había unha maceira xa recolleitada que non tiña nin froito nin folla. Espidas estaban as pólas todas e unha única mazá madurecía altísima no mesmo cotoriño, grande e fermosa, e avantaxaba ela soa o arrecendo da maioría. O colleiteiro tivo medo de agatuñar e esqueceu tirala. Quizais a fermosa mazá ata estaba gardada para un pastor namorado.

34.1 Cando Dafnis viu esta mazá, dispúxose a agatuñar para recolleitala e non atendeu a Cloe que llo quixo impedir. Ela, ó se ver desairada, marchou chea de carraxe onda os rabaños. Dafnis subiu correndo e logrou colle-la mazá e levarlla de regalo a Cloe, que aínda seguía enrabechada, e díxolle estas verbas: "Doncela, esta mazá producírona as fermosas Estacións, nutriuna unha árbore fermosa mentres o Sol a madurecía, e protexeuna a Fortuna. 2 E eu, que teño ollos, non a ía deixar para que caese na terra e a pisase un rabaño ó pastar, ou ben a envelenase un réptil ó se arrastrar, ou, alí tirada, a chuchase o tempo, contemplada e louvada. Este foi o premio que Afrodita acadou pola súa beleza. Este é o que eu che dou polo triunfo. 3 Nós estamos na mesma situación para facer de testemuñas; aquel era pastor, eu cabreiro". Logo de lle dicir isto, ponlla no colo. Ela, cando el estivo preto, bicouno, así que a Dafnis non lle pesou arriscarse a subir a tal altura, pois recibiu un bico mellor aínda ca unha mazá de ouro.

 

LIBRO IV

1.1 Veu de Mitilene un compañeiro de escravitude de Lamón e anunciou que, pouco antes da vendima, chegaría o amo para se informar de se a incursión naval dos metimnenses causara algún dano nos campos. 2 Como xa marchaba o verán e se achegaba o outono, Lamón preparaba a acollida para total compracencia da vista. 3 Limpaba as fontes para que tivesen auga clara. Sacaba o esterco do curro para que non molestase co cheiro. Coidaba o parque para que tivese boa aparencia.

2.1 Era o parque fermoso en todo e do estilo dos xardíns dos reis. Estendíase ata a distancia dun estadio e estaba nun lugar elevado, cunha anchura de catro pletros. 2 Alguén podería comparalo cunha camposa grande. Tiña árbores de tódalas clases, maceiras, mirtos, pereiras e granados, figueiras e oliveiras; e do outro lado unha videira elevada andaba por riba das maceiras e os pereiros, escurecida, coma se rivalizase con eles en froito. 3 Isto en plantas cultivadas. Pero había tamén alciprestes e loureiros e plátanos e piñeiros. Por riba de todos estes había hedra en lugar de videira. E o corimbo desta, que era grande e ennegrecido, imitaba os acios. 4 Dentro estaban as árbores de froita, como protexidas. Fóra erguíanse arredor os estériles, coma un valado feito pola man do home, aínda que os circundaba unha sebe lixeira. 5 Todos estaban distribuídos e separados, un tronco estaba afastado doutro tronco, pero no alto as pólas xuntábanse unhas coas outras e enlazaban a frondía; aínda que era disposición natural, mesmo parecía cousa de habelencia. 6 Había tamén macizos de flores, unhas producidas pola terra, outras obra de habelencia humana: roseiras, xacintos e lirios eran obra da man; violetas, narcisos e pimpinelas eran producto da terra. Había sombra no verán, na primavera flores, polo outono vendima e froito en tódalas estacións.

3.1 Dende alí había boa vista da campía e podíanse ve-los pastores; había boa vista do mar e contemplábase ós que navegaban contra a costa; así que tamén isto era parte do deleite do parque. Mesmo onde estaba o centro do parque en lonxitude e anchura, había un templo de Dioniso e un altar. O altar estaba arrodeado de hedra e o templo de sarmentos. O templo tiña dentro pinturas dionisíacas: Semele parindo, Ariadna durmindo, Licurgo encadeado, Penteo despedazado. Había tamén indios vencidos, tirrenos metamorfoseados; por tódalas partes Sátiros pisando uva, por tódalas partes Bacantes danzando. Tampouco se descoidara a Pan. Estaba tamén el sentado nun penedo tocando a frauta, coma se ofrecese unha mesma melodía para os que pisan e mais para as que danzan.

4.1 Tal era o parque que Lamón coidaba, repolando as ramas secas, levantando os sarmentos. Cinguiu a Dioniso cunha coroa e por un regueiro fixo chegar agua ás flores. Había unha fonte que Dafnis atopara para elas. A fonte estaba adicada ás flores, pero, aínda así, chamábase fonte de Dafnis. 2 Encomendoulle Lamón tamén a Dafnis que cebase as cabras o máis posible, dicíndolle que o amo, como viña despois dun longo tempo, seguramente querería velas. 3 Este confiaba en que o gabaría por elas; pois duplicara as que recibira e nin unha soa lle rispara o lobo e estaban máis cebadas cás ovellas. Pero desexando que el tivese o ánimo mellor disposto para o casamento, puxo todo o seu coidado e interese, levándoas moi de mañanciña e tornándoas ó solpor. 4 Levábaas dúas veces ó bebedoiro; pescudaba os mellores pastos desas terras; procurou tamén tinallas novas, moitas canadas e canizos máis grandes. Tal era o seu esmero que lles lustraba os cornos e lles amañaba a pelaxe. 5 Parecera contemplarse o sacro rabaño de Pan. En todas estas tarefas axudaba tamén Cloe, que, despreocupándose das súas ovellas, atendía máis aquelas, así que Dafnis pensaba que estaban fermosas gracias a ela.

5.1 Estando nisto, chegou da vila un segundo mensaxeiro, que lles mandou vendima-las videiras a toda présa e dixo que el quedaría ata que fixesen mosto dos acios e que logo voltaría á cidade para trae-lo amo, cando xa estivese rematada a colleita de outono. 2 A este Éudromo —así se chamaba porque o seu traballo era correr— acollérono cunha grande benvida. E a un tempo vendimaron as videiras, levando os acios ó lagar, botando o mosto nos bocois, arrincando cos sarmentos os acios máis vizosos, para que os que viñan da cidade puidesen ter algunha imaxe e pracer da vendima.

6.1 Cando xa Éudromo se dispoñía a avantar cara á vila, deulle Dafnis non poucas cousas e deulle tamén cantos regalos poden saír dun fato de cabras: queixos ben callados, un cabrito recén nacido, o pelello branco e peludo dunha cabra, para que o puidese botar por riba cando correse no inverno. 2 Este quedou compracido, bicou a Dafnis e prometeu falar ben del ó amo. E marchou en boa disposición e Dafnis quedou con Cloe cheo de angustia. Tamén ela tiña moito medo, pois un rapaciño afeito a contemplar cabras e ovellas e labregos e a Cloe, ía ver por primeira vez ó seu amo, do que antes só escoitara o nome. 3 Tamén andaba desacougada pola entrevista que ía ter Dafnis co amo e tiña a alma magoada co medo de que o casamento fose un soño inútil. Os bicos non cesaban e parecían fundirse nas apertas. Pero os bicos eran retraídos e as apertas tristeiras coma se sentisen medo do amo xa presente ou se agachasen del. E a isto engadíuselle este de