| A DAVID, ESCULTOR1 A duración da obra na que inscribo o seu nome, dúas veces ilustre neste século, é moi problemática; mentres que vostede grava o meu no bronce que sobrevive ás nacións, aínda que só fose gravado polo vulgar martelo do acuñador. ¿Non se molestarán os numismáticos por tantas testas coroadas no seu taller, cando atopen entre as cinzas de París esas existencias perpetuadas por vostede alén da vida dos pobos, nas que crerán ver dinastías? A vostede, pois, ese divino privilexio, a min o agradecemento. DE BALZAC
Ó comezo do outono do ano 1826, o padre Birotteau, principal personaxe desta historia, viuse sorprendido por unha torboada cando volvía da casa á que fora pasa-lo serán. De maneira que atravesaba tan rapidamente como as súas carnes llo permitían, a pequena praza deserta chamada o Claustro, que se atopa detrás da ábsida de Saint-Gatien, en Tours2. O padre Birotteau, home pequeneiro de constitución apopléctica, tiña uns sesenta anos de idade e xa sufrira varios ataques de gota. Agora ben, de tódalas pequenas miserias da vida humana, aquela pola que o bo do sacerdote experimentaba maior aversión era a repentina molladura dos seus zapatos de anchas presillas de prata e a inmersión das súas solas. En efecto, malia os carpíns de flanela nos que empaquetaba en todo tempo os pés, co coidado que os eclesiásticos poñen neles mesmos, sempre apañaba un pouco de humidade; logo, ó outro día, a gota dáballe infalibles probas da súa constancia. Sen embargo, como o pavimento do Claustro sempre está seco, e o padre Birotteau gañara tres libras e dez patacos xogando ó whist na casa da señora de Listomère, soportou a choiva con resignación desde o centro da praza do Arcebispado, onde comezara a caer copiosamente. Por outra banda, nese momento acariciaba a súa quimera, un desexo que xa tiña doce anos, ¡un desexo de crego!, desexo que, labrado noite tras noite, semellaba daquela próximo a cumprirse; en fin, xa se arroupaba demasiado ben na peliza dun canonicato como para senti-los rigores atmosféricos: durante a velada, as persoas que habitualmente se reunían na casa da señora de Listomère case lle garantiran o seu nomeamento para a praza de cóengo, vacante naquel momento no Cabido metropolitano de Saint-Gatien, probándolle que ninguén a merecía máis ca el, sendo incontestables os seus dereitos, por tanto tempo descoñecidos. Se tivese perdido no xogo, se soubese que o padre Poirel, o seu competidor, chegaba a cóengo, entón o bo do home tería atopado a choiva ben fría. Se cadra ata había maldici-la existencia. Pero atopábase nunha desas raras circunstancias da vida nas que felices sensacións fan esquecer todo. Apresurando o paso, obedecía a un movemento maquinal e, a verdade, esencial nunha historia costumista, obriga a dicir que non pensaba nin na chuvieira nin na gota. Noutrora había no Claustro, pola banda da Grand’rue, unhas casas cercadas por un valado, pertencentes á Catedral e nas que residían varios dignitarios do Cabido. Despois da alienación dos bens do clero, a vila converteu o pasadizo que separa estas casas nunha rúa, chamada rúa da Psalette3 e que vai do Claustro á Grand’rue. O nome indica suficientemente que alí residían noutrora o gran Chantre, as súas escolas e os que dependían deles. O lado esquerdo desa rúa está ocupado por unha soa casa cos muros atravesados polos arcobotantes de Saint-Gatien que se implantan no seu estreito xardinciño, de maneira que deixan a un na dúbida de se a Catedral foi edificada antes ou despois desa antiga vivenda. Pero, examinando os arabescos e a forma das fiestras, a cimbra da porta e o exterior desa casa amarelada polo tempo, o arqueólogo pode ver que sempre formou parte do magnífico monumento co que está desposada. Un especialista en antigüidades, se o houbese en Tours, unha das vilas menos ilustradas de Francia, podería incluso recoñecer, na entrada do pasadizo ó Claustro, algúns vestixios do arco que formaba antigamente a fachada desas construccións eclesiásticas e que debía harmonizar co carácter xeral do edificio. Situada ó norte de Saint-Gatien, esa casa fica sempre baixo as sombras proxectadas pola gran catedral sobre a que o tempo botou o seu manto negro, imprimiu as súas engurras, sementou o seu frío húmido, as carrizas e as altas herbas. Igualmente a casa está sempre envolta nun profundo silencio só interrompido polo ruído das campás, o canto dos oficios que franquea os muros da igrexa, ou os berros das grallas que aniñan no cumio dos campanarios. Ese lugar é un deserto de pedras, unha soidade chea de fisionomía, que non pode ser habitada máis que por seres próximos a unha completa nulidade ou dotados dunha forza de espírito prodixiosa. A casa da que se trata sempre estivera ocupada por cregos e pertencía a unha solteirona chamada señorita Gamard. Aínda que ese ben lle fora adquirido á Nación, durante a época do Terror, polo pai da señorita Gamard, como había vinte anos que aquela solteirona só aloxaba alí sacerdotes, a ninguén lle parecía mal, baixo a Restauración, que unha beata conservase un ben nacional: quizá a xente relixiosa lle supoñía a intención de legarllo ó Cabido, e a xente mundana non vía o seu destino cambiado. O padre Birotteau dirixíase, pois, cara a aquela casa, na que residía dende había dous anos. O seu apartamento fora, como era agora o canonicato, o obxecto dos seus desexos e o seu hoc erat in votis durante unha ducia de anos. Ser hóspede da señorita Gamard e chegar a ser cóengo foron os dous grandes asuntos da súa vida; e quizá resuman exactamente a ambición dun sacerdote que, considerándose de viaxe para a eternidade, non pode desexar neste mundo máis que un bo albergue, unha boa mesa, roupa limpa, zapatos con presillas de prata, cousas suficientes para as necesidades do animal, e un canonicato para satisface-lo amor propio, ese sentimento indicible que nos seguirá, segundo se di, ata xunto a Deus, xa que hai graos entre os santos. Pero a cobiza polo apartamento que entón habitaba o padre Birotteau, ese sentimento mínimo ós ollos das xentes de mundo, fora para el toda unha paixón, paixón chea de obstáculos e, como as máis criminais paixóns, chea de esperanzas, de praceres e de remordementos. A distribución interior e a capacidade da casa non lle permitiran á señorita Gamard dar aloxamento máis que a dous hóspedes. Ora ben, uns doce anos antes de que Birotteau fose hospedado por aquela muller, ela encargárase de manter con alegría e saúde ó señor abade Troubert e ó señor abade Chapeloud. O padre Troubert vivía. O padre Chapeloud morrera, e Birotteau sucedérao inmediatamente. O defunto señor abade Chapeloud, en vida cóengo de Saint-Gatien, fora o amigo íntimo de Birotteau. Cando o vigairo entraba na casa do cóengo, nunca deixaba de admira-lo apartamento, os mobles e a biblioteca. Desa admiración naceu un día o desexo de posuír aquelas cousas fermosas. Fóralle imposible a Birotteau afogar ese desexo, que a miúdo o fixo sufrir horriblemente cando viña a pensar que só a morte do seu mellor amigo podía satisfacer aquela cobiza, oculta, pero que non cesaba de medrar. O padre Chapeloud e o seu amigo Birotteau non eran ricos. Ámbolos dous fillos de campesiños, non disporían de ningunha outra cousa máis que dos escasos emolumentos concedidos ós sacerdotes; e as súas exiguas economías foran empregadas en pasa-los tempos desgraciados da Revolución. Na época en que Napoleón restableceu o culto católico, o padre Chapeloud foi nomeado cóengo de Saint-Gatien e Birotteau vigairo da Catedral. Entón Chapeloud entrou na casa da señorita Gamard. Cando Birotteau foi visita-lo cóengo na súa nova vivenda, atopou o apartamento perfectamente distribuído; pero non viu alí ningunha outra cousa. O comezo desta concupiscencia mobiliaria foi semellante ó dunha paixón verdadeira que, nun home novo, comeza ás veces por unha fría admiración pola muller que máis tarde amará sempre. Aquel apartamento, accesible por unha escaleira de pedra, atopábase nun corpo do edificio exposto ó mediodía. O padre Troubert ocupaba a planta baixa e a señorita Gamard o primeiro andar do edificio principal que daba á rúa. No momento en que Chapeloud entrou na súa vivenda, os cuartos estaban nus e os teitos ennegrecidos de fume. Os marcos das chemineas de pedra bastante mal esculpida nunca se pintaran. Por todo mobiliario, o pobre cóengo puxo ó primeiro unha cama, unha mesa, algunhas cadeiras e os poucos libros que posuía. O apartamento era como unha fermosa muller vestida de farrapos. Pero, dous ou tres anos máis tarde, unha anciá deixoulle ó padre Chapeloud dous mil francos, el empregou aquela suma na compra dunha biblioteca de carballo, proveniente da demolición dun palacio desmantelado pola Banda Negra e notable por unhas tallas dignas da admiración dos artistas. O sacerdote fixo aquela adquisición, menos seducido polo baixo prezo que pola perfecta concordancia que existía entre as dimensións daquel moble e as da galería. As súas economías permitíronlle entón restaurar enteiramente a galería, ata entón pobre e abandonada. O parqué foi coidadosamente pulido, o teito branqueado e as madeiras pintadas de maneira que figuraban as cores e os nós do carballo. Unha cheminea de mármore substituíu a antiga. O cóengo tivo bo gusto abondo para buscar e atopar uns vellos sofás de pao de nogueira tallado. Despois, unha longa mesa de ébano e dous mobles do ebanista Boulle acabaron de lle dar a aquela galería unha fisionomía moi característica. No prazo de dous anos, a xenerosidade de varias persoas devotas e os legados das súas piadosas penitentes, aínda que limitados, encheron de libros os andeis da biblioteca entón baleira. Por fin, un tío de Chapeloud, vello oratoriano, legoulle a súa colección de infolio dos Padres da Igrexa e outras varias grandes obras, preciosas para un eclesiástico. Birotteau, cada vez máis sorprendido polas sucesivas transformacións daquela galería noutrora núa, chegou gradualmente a unha involuntaria cobiza. Desexou posuír aquel gabinete, tan de acordo coa gravidade dos costumes eclesiásticos. Esta paixón foi medrando día a día. Ocupado durante días enteiros en traballar naquel asilo, o vigairo puido aprecia-lo seu silencio e a súa paz, despois de ter admirado primitivamente a súa feliz distribución. Nos anos que seguiron, o abade Chapeloud converteu a cela nun oratorio, que as súas devotas amigas se compraceron en adornar. Máis tarde aínda, unha dama ofreceulle ó cóengo para o seu cuarto un moble de tapicería que ela mesma estivera facendo durante moito tempo ante os ollos daquel home amable sen que el sospeitase o destino da obra. Ocorreu entón co cuarto o mesmo que coa galería, cegou ó vigairo. Por fin, tres anos antes da súa morte, o abade Chapeloud completara o confort do seu apartamento decorando o salón. Aínda que simplemente gornecido de veludo de Utrecht vermello, o mobiliario seducira a Birotteau. Desde o día en que o compañeiro do cóengo viu as cortinas de seda vermella bordada, os mobles de caoba e a alfombra de Aubisson que adornaban aquela vasta sala pintada de novo, o apartamento de Chapeloud foi obxecto da súa secreta monomanía. Vivir alí, deitarse no leito de grandes cortinas de seda onde durmía o cóengo, e atopar sempre aquelas comodidades arredor de si, como as atopaba Chapeloud, foi para Birotteau a felicidade completa: non vía nada máis aló. Toda a envexa e a ambición que as cousas deste mundo fan nacer no corazón dos outros homes concentrouse para o padre Birotteau no sentimento secreto e profundo co que desexaba un ambiente semellante ó que creara o abade Chapeloud. Cando o seu amigo caía enfermo, el íao ver certamente conducido por un sincero afecto; pero ó informarse da indisposición do cóengo, ou mentres lle facía compañía, elevábanse, ó seu pesar, no fondo da súa alma mil pensamentos dos que a forma máis sinxela era sempre: «Se Chapeloud morrese, eu podería te-lo seu aloxamento». Sen embargo, como Birotteau tiña un corazón excelente, ideas estreitas e unha intelixencia limitada, non ía ata concibi-los medios para conseguir que lle fosen legados a biblioteca e mailos mobles do seu amigo. O padre Chapeloud, egoísta amable e indulxente, adiviñou a paixón do seu amigo, cousa que non era moi difícil, e perdooulla, o que pode semellar menos fácil nun crego. Pero tamén o vigairo, a amizade do cal seguiu se-la mesma, non cesou de pasear co seu amigo tódolos días pola mesma avenida do paseo de Tours, sen lle reprochar unha soa vez o tempo consagrado durante vinte anos a aquel paseo. Birotteau, que consideraba os seu desexos involuntarios como faltas, sería capaz, por contricción, da meirande abnegación polo abade Chapeloud. Este pagou a débeda contraída por unha fraternidade tan inxenua e sincera dicíndolle, uns días antes da súa morte ó vigairo, que lle lía La Quotidienne : —Desta vez, tera-lo apartamento. Sinto que todo acabou para min. En efecto, no seu testamento o abade Chapeloud legoulle a biblioteca e mailo mobiliario a Birotteau. A posesión daquelas cousas tan ardentemente ansiadas, e a perspectiva de ser acollido na pensión da señorita Gamard, mitigaron moito a dor que lle causaba a Birotteau a perda de seu amigo o cóengo: tal vez non resucitaría, pero chorou por el. Durante algúns días sentiuse como Gargantúa, que, morta a súa muller parindo a Pantagruel, non sabía se tiña que alegrarse polo nacemento do seu fillo ou que desgustarse por ter enterrado a súa Badebec, que se equivocaba alegrándose da morte da muller e deplorando o nacemento de Pantagruel. O padre Birotteau pasou os primeiros días do seu dó verificando as obras da súa biblioteca, utilizando os seus mobles, examinándoos, dicindo cun ton que, desgraciadamente, non se puido reproducir: —¡Pobre Chapeloud! En fin, a súa alegría e a súa dor ocupárono de tal xeito que non sentiu ningunha pena ó ver como lle daban a outro a praza de cóengo, na que o defunto Chapeloud esperaba ter a Birotteau por sucesor. A señorita Gamard aceptou gustosa o vigairo en pensión e este participou desde entón de tódalas comodidades da vida material que lle chufaba o defunto cóengo. ¡Incalculables vantaxes! Oíndo ó defunto abade Chapeloud, creríase que ningún dos sacerdotes que vivían na vila de Tours, sen exceptua-lo Arcebispo, podía ser obxecto de coidados tan delicados e tan minuciosos coma os prodigados pola señorita Gamard ós seus dous hóspedes. As primeiras palabras que lle dicía o cóengo ó seu amigo, no paseo, case sempre se referían a unha suculenta cea que acababa de tomar e era ben raro que, durante os sete paseos da semana, non lle dixese polo menos catorce veces: «Esa excelente muller certamente ten por vocación o servicio eclesiástico». —Imaxine –dicíalle o abade Chapeloud a Birotteau–, durante doce anos consecutivos, roupa branca, albas, sobrepelices, colariños, non me faltou nunca de nada. Sempre atopo cada cousa no seu sitio, en cantidade suficiente e recendendo a lirios. Os mobles, frégaos e límpaos tan ben que onde vai que non sei o que é o po. ¿Viu vostede algunha vez un só gran de po na miña casa? ¡Xamais! E a leña para a cheminea é ben escollida, a mínima cousa é excelente; nunha palabra, parece como se a señorita Gamard tivese un ollo sempre posto no meu cuarto. Non me lembro de ter chamado dúas veces, en dez anos, para pedi-lo que fose. ¡Iso é vida! Non ter que buscar nada, nin sequera as zapatillas. Atopar sempre un bo lume, unha boa mesa. En fin, preocupábame a miña respiración, tiña molestias na larinxe, non me queixei dúas veces. Pssst, ó outro día a señorita regaloume un bonito chifre e este par de tenaciñas coas que me ve vostede atiza-lo lume. Birotteau, por toda resposta, dicía : —¡Recendendo a lirios! Ese recendendo a lirios sempre o sorprendía. As palabras do cóengo acusaban unha felicidade fantástica para o pobre vigairo a quen os colariños e as albas causaban gran preocupación, pois el non tiña orde ningún e esquecíase moi a miúdo de pedi-la cea. Así que, fose durante a colecta, fose dicindo a misa, cando albiscaba a señorita Gamard en Saint-Gatien, nunca deixaba de botarlle unha ollada doce e afectuosa, coma as que lle debía botar ó ceo santa Teresa. Pero aínda que lle fose concedido o benestar que desexa toda criatura e co que el soñara con tanta frecuencia, como é difícil para todo o mundo, mesmo para un crego, vivir sen algunha teima, desde había dezaoito meses o abade Birotteau substituíra as súas paixóns satisfeitas polo desexo dun canonicato. O título de cóengo transformárase para el no que debe se-lo título de par para un ministro plebeo. De maneira que a probabilidade do seu nomeamento e as esperanzas que lle acababan de dar na casa da señora de Listomère, dábanlle tantas voltas na cabeza que non se lembrou de que esquecera alí o paraugas ata que chegou ó seu domicilio. Se cadra incluso, se non fose pola choiva que caía a canados, nin se lembraría, tan absorto ía polo pracer co que repetía no seu interior todo o que lle dixeran sobre a súa promoción as persoas de arredor da señora de Listomère, anciá na casa da cal pasaba as tardes dos mércores. O vigairo chamou vivamente como para avisar á criada de que non o fixese agardar. Despois achegouse contra o recanto da porta por se molla-lo menos posible; pero a auga que viña do teito caeulle precisamente na punta dos zapatos e o vento lanzáballe por momentos certas bafaradas de choiva semellantes a duchas. Tras calcula-lo tempo necesario para saír da cociña e ir tirar polo cordón colocado baixo da porta, volveu petar de maneira que soase unha chamada moi significativa. «Non poden ter saído», pensou ó non oír movemento ningún no interior. E por terceira vez tocou o timbre, o cal resoou tan agudamente na casa e foi repetido de tal xeito por tódolos ecos da catedral, que con aquel escandaloso alboroto era imposible non espertar. De modo que, algúns instantes despois, sentiu, non sen certo pracer mesturado cun pouco de mal humor, os zocos da criada que choqueleaban no empedrado. Sen embargo o mal estar do gotoso non rematou tan pronto como cría. En lugar de tirar do cordón, Marianne tivo que abri-la pechadura da porta coa chave grande e retira-los ferrollos. —¿Como agarda a que chame tres veces con semellante tempo? –díxolle a Marianne. —Pero señor, ben ve que a porta estaba pechada. Onde vai que todo o mundo está deitado, xa pasa das once menos cuarto. A señorita debeu pensar que vostede non saíra. —¡Mais vostede viume saír! Ademais a señorita ben sabe que vou á casa da señora de Listomère ós mércores. —¡Abofé, señor! Eu fixen o que a señorita me mandou –respondeu Marianne, pechando a porta. Estas palabras supuxeron para o padre Birotteau un golpe ó que foi máis sensible sobre todo porque os seus soños o fixeran completamente feliz. Calou, seguiu a Marianne á cociña para colle-lo seu candeeiro que supoñía que lle deixaran alí. Pero, en lugar de entrar na cociña, Marianne acompañouno ó seu cuarto, onde o vigairo albiscou o candeeiro na mesa que se encontraba á porta do salón vermello, nunha especie de antecámara formada polo descansiño da escaleira ó que o defunto cóengo adaptara un gran cerramento acristalado. Mudo de sorpresa, entrou prontamente no cuarto, non viu lume na cheminea e chamou por Marianne, que aínda non tivera tempo de baixar. —¿E logo non me acenderon o lume? –preguntou. —Perdón, señor cura –respondeu ela–, apagaríase. —Birotteau mirou de novo a cheminea, e comprobou que o lume permanecera cuberto desde a mañá. —Teño que seca-los pés –dixo–. Acéndame o lume. Marianne obedeceu coa presteza de quen está desexando ir durmir. Segundo buscaba as zapatillas, que non estaban na alfombra, tal e como adoitaban estar, o padre fixouse en como estaba vestida Marianne e comprendeu que non viña da cama, como dixera. Lembrouse, entón, de que había uns quince días que o privaban deses pequenos coidados que, durante dezaoito meses, lle fixeran a vida tan doada de levar. E, como a natureza das mentes estreitas as leva a descubrir minucias, entregouse de pronto a profundas reflexións sobre eses catro acontecementos, imperceptibles para calquera outro, pero que para el constituían catro catástrofes. Tratábase, evidentemente, da perda total do seu benestar co esquecemento das zapatillas, a mentira de Marianne con respecto ó lume, o transporte insólito do candeeiro á mesa da antecámara e a situación forzada que lle fixeran sufrir, baixo a choiva, no limiar da porta. Cando a chama brillou na cheminea, cando se acendeu a lámpada de noite e Marianne marchou sen lle preguntar, como facía antes: «¿O señor necesita algunha outra cousa?», o abade Birotteau deixouse caer a modo na fermosa e ampla butaca do seu defunto amigo; pero o movemento co que caeu tivo algo de triste. O bo do home estaba abatido polo presentimento dunha horrible desgracia. Os seus ollos volvéronse sucesivamente cara ó fermoso conxunto, a cómoda, os asentos, as cortinas, as alfombras, o leito de columnas, a pía de auga bendita, o crucifixo, unha Virxe de Valentin, un Cristo de Lebrun, en fin tódolos accesorios daquel cuarto; e a expresión da súa cara revelou as dores do máis tenro adeus que un amante teña dado xamais ó seu primeiro amor, ou un ancián ás últimas árbores que plantou. O vigairo acababa de recoñecer, un pouco tarde, esa é a verdade, os sinais dunha persecución xorda exercida sobre el, dende había uns tres meses, pola señorita Gamard, as malas intencións da cal, sen dúbida, terían sido advertidas moito antes por un home intelixente. ¿Non teñen tódalas solteironas un certo talento para acentua-las accións e as palabras que lles suxire o odio? Rabuñan coma os gatos. Ademais, non só feren senón que senten pracer en ferir e en facerlle ver á súa víctima que a feriron. Mentres que un home de mundo non se deixaría gaduñar dúas veces, o bo de Birotteau necesitaba varias poutadas na cara antes de crer na mala intención. De contado, con esa sagacidade inquisidora que contraen os curas habituados a dirixi-las conciencias e a buscar miudezas desde o fondo do confesionario, o padre Birotteau púxose a establecer, coma se se tratase dunha controversia relixiosa, a proposición seguinte: «Admitindo que a señorita Gamard non se lembrara da miña visita á casa da señora de Listomère, que Marianne esquecese acenderme o lume, que pensasen que eu xa regresara; tendo en conta que baixei esta mañá, eu mesmo, ¡¡¡o meu candeeiro!!! é imposible que a señorita Gamard ó velo no seu salón supuxese que xa me deitara. Ergo, a señorita Gamard deixoume a propósito na porta baixo a choiva; e subiu o candeeiro ó meu cuarto coa intención de que eu comprendese... —¿O que?» –dixo en voz alta, arrastrado pola gravidade das circunstancias e erguéndose para quita-la roupa empapada, poñe-la bata e o gorro de durmir. Despois andou do leito á cheminea, xesticulando e lanzando en diferentes tons as frases seguintes, todas rematadas con voz de falsete como para substituí-los signos de interrogación: —¿Que diaño lle fixen eu? ¿Que me tomaría a mal? Marianne non se puido esquecer do meu lume, ¡tivo que ser ela a que lle dixo que non mo acendese! Ata un neno se daría conta, polo ton e os modos que adopta comigo, de que tiven a desgracia de desgustala. ¡A Chapeloud nunca lle ocorreu nada semellante! Vaime ser imposible vivir entre eses tormentos que... á miña idade... Deitouse coa esperanza de aclarar ó día seguinte a causa do odio que destruía para sempre aquela felicidade da que gozara durante dous anos, despois de tela ambicionado tanto tempo. ¡Ai!, os secretos motivos dos sentimentos da señorita Gamard con respecto a el debíanlle ser eternamente descoñecidos, non porque fosen difíciles de adiviñar, senón porque o pobre home carecía desa boa fe coa que as grandes almas e os pillabáns saben reaccionar e xulgarse eles mesmos. Só un home intelixente ou un intrigante pensa: «Fixen mal». O interese e o talento son os únicos conselleiros minuciosos e lúcidos. Agora ben, o padre Birotteau, a bondade do cal chegaba á estupidez e a instrucción do cal non estaba, dalgunha maneira, consolidada máis que a forza de traballo, que non tiña ningunha experiencia do mundo nin dos seus costumes e que vivía entre a misa e o confesionario, enteiramente ocupado en decidir sobre os máis lixeiros casos de conciencia na súa calidade de confesor dos internados da vila e dalgunhas boas almas que o apreciaban, o padre Birotteau podía ser considerado como un neno grande, ó que a meirande parte das prácticas sociais lle eran completamente descoñecidas. Só que, o egoísmo natural a tódalas criaturas humanas, reforzado polo egoísmo especial dos cregos e polo da vida estreita que se leva en provincias, desenvolvérase insensiblemente nel, sen que se dese conta. Se alguén tivera interese abondo para rebuscar na alma do vigairo e demostrarlle que, nos máis ínfimos detalles da súa existencia e nos mínimos deberes da súa vida privada, carecía esencialmente desa abnegación que cría posuír, castigaríase a si mesmo e mortificaríase de boa fe. Pero aqueles a quen ofendemos, mesmo sen o sospeitar, teñen pouco en conta a nosa inocencia, queren e saben vingarse. Polo tanto Birotteau, por débil que fose, tivo que someterse ós efectos desa gran Xustiza distributiva que lle vai encargando ó mundo que execute as súas ordes, chamadas por algúns necios as desgracias da vida. Había unha diferencia entre o defunto abade Chapeloud e o vigairo: un era un egoísta hábil e espiritual e o outro un franco e torpe egoísta. Cando o abade Chapeloud foi vivir para a casa da señorita Gamard, soubo xulgar perfectamente o carácter da súa patroa. O confesionario ensináralle a coñecer toda a amargura que pon no corazón dunha solteirona a desgracia de se atopar fóra da sociedade, así que calculou sabiamente a súa conducta coa señorita Gamard. A anfitriona, que daquela só tiña trinta e oito anos, aínda conservaba algunhas pretensións que, entre esas discretas persoas, se transforman máis tarde nunha alta estima de si mesmas. O cóengo comprendeu que para vivir de boas coa señorita Gamard, tiña que concederlle sempre as mesmas atencións e os mesmos coidados, ser máis infalible có papa. Para obter ese resultado, non deixou establecer, entre ela e el, máis cós puntos de contacto estrictamente ordenados pola boa educación e os que existen necesariamente entre persoas que viven baixo o mesmo teito. De modo que, aínda que o abade Troubert e mais el fixesen regularmente tres comidas por día, el abstivérase de comparti-lo almorzo común, acostumando á señorita Gamard a enviarlle á cama unha cunca de café con leite. Despois, evitara as molestias da cea tomando tódalas tardes o té nas casas onde ía pasa-la velada. De maneira que raramente vía a súa anfitriona noutro momento que non fose o do xantar; pero sempre chegaba uns instantes antes da hora fixada. Nesta especie de visita de cortesía, durante os doce anos que pasara baixo o seu teito, dirixíralle as mesmas preguntas, obtendo dela as mesmas respostas. Como durmira a señorita aquela noite, como fora o seu almorzo, os pequenos acontecementos domésticos, o aspecto da súa cara, a hixiene da súa persoa, o tempo que ía, a duración dos oficios relixiosos, os incidentes da misa, en fin a saúde de tal ou cal sacerdote representaban tódolos temas daquela conversa periódica. No xantar, procedía sempre por gabanzas indirectas, indo sen cesar da calidade dun peixe, do bo gusto dos condimentos ou das calidades dun prebe ás calidades da señorita Gamard e as súas virtudes como ama de casa. Estaba seguro de acariciar tódalas vaidades da solteirona eloxiando a arte coa que estaban feitas ou preparadas as súas marmeladas, os seus cogombros en vinagre, as súas conservas, os seus patés e outros inventos gastronómicos. Por último, o astuto cóengo xamais saía do salón amarelo da súa anfitriona, sen dicir que en ningunha casa de Tours se tomaba un café tan bo coma o que acababa de saborear. Gracias a esa perfecta comprensión do carácter da señorita Gamard e a esa ciencia da existencia profesada durante doce anos polo cóengo, nunca houbo entre eles ocasión de discuti-lo máis mínimo punto de disciplina interna. O abade Chapeloud recoñecera primeiro os ángulos, as asperezas e a acrimonia daquela solteirona e regulara as tanxentes inevitables entre as súas persoas para acadar dela tódalas concesións necesarias ó benestar e á tranquilidade da súa vida. De modo que a señorita Gamard dicía que o abade Chapeloud era un home moi amable co que era extremadamente doado convivir e moi intelixente. En canto ó abade Troubert, a devota non dicía nada en absoluto. Entrara no movemento da súa vida coma un satélite na órbita do seu planeta e, para ela, era unha especie de criatura intermedia entre os individuos da especie humana e os da especie canina; Troubert atopábase clasificado no seu corazón inmediatamente antes do lugar destinado ós amigos e o que ocupaba un groso can pachorrento que amaba tenramente; gobernábao de fío a fondo e a promiscuidade dos seus intereses chegou a ser tan grande que moitas persoas, entre as amizades da señorita Gamard, pensaban que o abade lle botara o ollo á fortuna da solteirona, que a atraía insensiblemente cunha continua paciencia e que a conducía tanto mellor canto que parecía obedecela, sen deixar transparenta-lo menor desexo de dirixila. Cando morreu o abade Chapeloud, a solteirona, que quería un inquilino tranquilo, pensou, naturalmente, no vigairo. O testamento do cóengo aínda non se coñecía e xa a señorita Gamard cavilaba en darlle o aloxamento do defunto ó seu bo padre Troubert, que atopaba moi mal acomodado na planta baixa. Pero cando o abade Birotteau veu establecer con ela as condicións do contrato privado da súa pensión, viuno tan interesado por aquel apartamento polo que alimentara durante tanto tempo uns desexos con violencia que podía ser agora confesada, que non se atreveu a propoñerlle un cambio e fixo cede-lo afecto ás esixencias do interese. Para consolar ó benquerido cóengo, a señorita substituíu os anchos ladrillos brancos de Château-Régnault que formaban o piso do apartamento por un parqué de punto de Hungría e reconstruíulle unha cheminea que afumaba. O abade Birotteau visitara durante doce anos ó seu amigo Chapeloud, sen ocorrérselle xamais indagar de onde procedía a extrema circunspección das súas relacións coa señorita Gamard. Cando se trasladou á casa daquela santa muller, encontrábase na situación dun amante satisfeito. Mesmo se non fose xa naturalmente cego de intelixencia, os seus ollos estaban demasiado cegados pola felicidade como para que lle fose posible xulgar á señorita Gamard e reflexionar sobre a maneira de establece-las súas relacións cotiás con ela. A señorita Gamard, vista de lonxe e a través do prisma do benestar material que o vigairo soñaba con saborear xunto a ela, parecíalle unha criatura perfecta, unha cristiá excelente, unha persoa esencialmente caritativa, a muller do Evanxeo, a virxe sabia, ornada desas virtudes humildes e modestas que expanden pola vida un celeste perfume. De xeito que, con todo o entusiasmo dun home que acada un obxectivo longamente desexado, co candor dun neno e o necio atordamento dun vello sen experiencia mundana, entrou na vida da señorita Gamard, coma unha mosca que se prende nunha tea de araña. Así, o primeiro día que foi comer e durmir á casa da solteirona, viuse retido no seu salón tanto polo desexo de coñecela coma por esa inexplicable confusión que se apodera a miúdo da xente tímida e lles fai crer que son descorteses se interrompen unha conversa para marchar. Pasou alí toda a tarde. Á noite veu outra solteirona amiga de Birotteau, a señorita Salomon de Villenoix. Entón a señorita Gamard tivo a satisfacción de organizar na súa casa unha partida de boston. O vigairo, ó deitarse, pensou que pasara unha moi agradable velada. Como aínda non coñecía máis que lixeiramente á señorita Gamard e ó abade Troubert, só albiscou superficialmente os seus carácteres. Poucas persoas mostran de entrada os seus defectos nus. Xeralmente, cada un trata de mostra-lo seu lado atraínte. De modo que Birotteau concibiu o encantador proxecto de consagra-los seráns á señorita Gamard, en vez de ilos pasar fóra. A anfitriona concibira, dende había algúns anos, un desexo que se reproducía día a día, cada vez máis forte. Ese desexo, que crean os vellos e mesmo as mulleres bonitas, transformárase para ela nunha paixón semellante á de Birotteau polo apartamento do seu amigo Chapeloud, e mantíñase no corazón da solteirona cos sentimentos de orgullo e de egoísmo, de ansia e de vaidade que preexisten entre as xentes de mundo. É a historia de sempre: basta con ampliar un pouco o círculo estreito no que van actua-los personaxes para encontra-la razón proporcional dos acontecementos que ocorren nas esferas máis altas da sociedade. A señorita Gamard pasaba alternativamente as tardes en seis ou oito casas diferentes. Sexa porque lamentaba verse obrigada a ir buscar compañía e se crese no dereito, á súa idade, de esixir algunha correspondencia, sexa porque o seu amor propio se sentise mancado por non ter un círculo propio, sexa, en fin, porque a súa vaidade ambicionase os cumpridos e as vantaxes que lles vía saborear ás súas amigas, toda a súa ambición era facer do seu salón un punto de reunión cara ó cal se dirixisen encantadas cada tarde un certo número de persoas. Despois de que Birotteau e a súa amiga, a señorita Salomon, pasaran algunhas veladas na súa casa, na compaña do fiel e paciente abade Troubert, unha tarde ó saír de Saint-Gatien, a señorita Gamard díxolle ás boas amigas, das que se consideraba coma unha escrava ata entón, que as persoas que a quixesen visitar podían vir unha vez por semana á súa casa, onde reunía un número de amigos suficientes para xogar unha partida de boston, que ela non debía deixar só o padre Birotteau, o seu novo hóspede, que a señorita Salomon aínda non faltara unha soa tarde na semana, que ela se debía ós seus amigos e que... e que... etc., etc. As súas palabras foron humildemente altivas e excesivamente doces, porque a señorita Salomon de Villenoix pertencía á sociedade máis aristocrática de Tours. Se ben a señorita Salomon só viña por amizade polo vigairo, a señorita Gamard triunfaba contando con ela no seu salón e viuse, gracias ó padre Birotteau, a punto de logra-lo seu gran desexo de formar un círculo que chegase a ser tan numeroso e tan agradable como eran os da señora de Listomère, da señorita Merlin de la Blottière e outras beatas que recibían á sociedade piadosa de Tours. Pero, ¡ai!, o abade Birotteau fixo aborta-las esperanzas da señorita Gamard. Agora ben, se todos aqueles que na súa vida lograron gozar dunha felicidade longo tempo desexada comprenderon a ledicia que puido senti-lo vigairo deitándose no leito de Chapeloud, tamén deberán ter unha lixeira idea do desgusto que sentiu a señorita Gamard coa ruína do seu plano favorito. Tras aceptar por seis meses a súa fortuna bastante pacientemente, Birotteau desertou da vivenda, levando canda el a señorita Salomon. Malia os seus inauditos esforzos, a ambiciosa Gamard mal conseguira cinco ou seis persoas, sendo a súa asiduidade moi problemática e facían falta, polo menos, catro persoas fieis para organizar unha partida de boston. Así que se viu obrigada a rectificar e a regresar á casa de antigas amigas, pois as solteironas encóntranse en bastante mala compañía consigo mesmas como para non busca-las distraccións equívocas da sociedade. A causa desta deserción é boa de entender. Aínda que o vigairo fose unha desas persoas ás que debe pertencer un día o paraíso en virtude da sentencia: Benaventurados os pobres de espírito, non podía, coma moitos idiotas, soporta-lo aburrimento que lle causaban outros idiotas. As persoas curtas de intelixencia asemellan ás malas herbas, que gozan coas boas terras e canto máis se aburren eles mesmos máis lles gusta que os outros os divirtan. A encarnación do aburrimento do que son víctimas, unida á necesidade que senten de divorciarse perpetuamente de si mesmos, produce esa paixón polo movemento, esa necesidade, que os distingue, de estar sempre alí onde non están, igual que os seres desprovistos de sensibilidade e aqueles dos que se frustra o destino ou que sofren pola súa culpa. Sen afondar demasiado no baleiro, na nulidade da señorita Gamard e sen explicarse o limitado das súas ideas, o pobre abade Birotteau deuse conta, un pouco tarde para a súa desgracia, dos defectos que ela compartía con tódalas solteironas e dos que lle eran específicos. O mal, nos outros, triúnfa tan vigorosamente sobre o ben que sempre nos chama a atención antes de ferirnos. Este fenómeno moral xustificaría, se houbese necesidade, a pendente que nos leva máis ou menos cara á maledicencia. É tan natural, socialmente falando, burlarse das imperfeccións dos demais, que deberíamos perdoa-la charla burlona que as nosas ridículas autorizan e non asombrarnos máis que da calumnia. Pero os ollos do bo do vigairo nunca estaban nese punto óptico que lles permite ás xentes de mundo ver e evitar con prontitude as asperezas do veciño; así que para recoñece-los defectos da súa anfitriona viuse obrigado a sufri-las advertencias que dá a natureza a tódalas súas criaturas: ¡a dor! As solteironas, como non tiveron que dobrega-lo seu carácter e a súa vida a outra vida e a outros carácteres, así como o esixe o destino da muller, teñen, a maioría delas, a manía de querer dobregar a tódolos que están ó seu redor. Na señorita Gamard este sentimento dexeneraba en despotismo; pero este despotismo só se podía exercer en pequenas cousas. Así, entre mil exemplos, o cesto das fichas e das chapas pousado na mesa de xogo para o padre Birotteau, debía permanecer no lugar no que ela o puxera; e o abade contrariábaa enormemente movéndoo de alí, cousa que ocorría case tódalas tardes. ¿De onde procedía esa susceptibilidade estupidamente causada por miudezas e cal era o seu obxectivo? Ninguén o podería dicir, a señorita Gamard non o sabía nin ela mesma. Aínda que un algo carneirán por natureza, ó novo hóspede tampouco lle gustaba máis ca ás ovellas sentir moi a miúdo a variña, sobre todo se tiña aguillón. Sen se explica-la grande paciencia do abade Troubert, Birotteau quixo subtraerse ó benestar que a señorita Gamard lle pretendía condimentar ó seu xeito, pois ela cría que co benestar pasaba coma coas súas marmeladas; pero o infeliz actuou de maneira bastante torpe, dada a inxenuidade do seu carácter. Esta separación tivo lugar non sen unha chea de tiróns e picadas, ós que o abade Birotteau se esforzou por non se mostrar sensible. Cando expirou o seu primeiro ano baixo o teito da señorita Gamard, o vigairo recuperara tódolos seus antigos costumes e ía pasar dúas tardes á semana na casa da señora de Listomère, tres na da señorita Salomon, e as outras dúas na da señorita Merlin de la Blottière. Esas persoas pertencían á parte aristocrática da sociedade de Tours, onde a señorita Gamard non era admitida. Así que a anfitriona sentiuse vivamente aldraxada polo abandono do abade Birotteau, que lle facía senti-lo seu escaso valor: toda especie de elección implica un desprezo polo obxecto rexeitado. —O señor Birotteau non nos encontrou agradables abondo –dixo o abade Troubert ás amigas da señorita Gamard cando esta se viu obrigada a renunciar ás reunións na súa casa–. ¡É un home intelixente, un sibarita! Necesita xente de elevada categoría, luxo, conversacións enxeñosas, os ruxerruxe da vila. Estas palabras levaban sempre á señorita Gamard a xustifica-la superioridade do carácter del sobre o de Birotteau. —Non lle é tan intelixente –dicía ela–. Se non fose polo abade Chapeloud nunca o recibirían na casa da señora de Listomère. ¡Ai!, que perda, a do abade Chapeloud. ¡Que home amable e de fácil convivencia! En fin, durante doce anos nunca tiven a menor dificultade nin o menor desgusto con el. A señorita Gamard fixo un retrato do padre Birotteau tan pouco afagador que o inocente hóspede colleu sona entre aquela sociedade burguesa, secretamente inimiga da sociedade aristocrática, de home esencialmente problemático e de ardua convivencia. Despois, a solteirona, tivo durante algunhas semanas, o pracer de oír como as súas amigas se compadecían dela, amigas que sen pensar unha palabra do que dicían, non cesaban de repetirlle : —¿E como vostede, tan doce e tan boa, lle puido inspirar repugnancia...? Ou: —Consólese, querida señorita Gamard, a vostede coñecémola tan ben que... etc. Pero, encantadas de evitar unha tarde por semana no Claustro, o lugar máis deserto, máis sombrío e máis afastado que hai en Tours, todas elas bendicían ó vigairo. Entre persoas que están en contacto continuo, o odio e o amor non paran de medrar; en todo momento se encontran razóns para amarse ou odiarse máis. Así, o abade Birotteau chegou a ser insoportable para a señorita Gamard. Dezaoito meses despois de adoptalo na súa pensión, cando o bo do home cría ve-la paz da satisfacción no silencio do odio e se felicitaba de ter sabido entenderse tan ben coa solteirona, por utiliza-la súa expresión, foi obxecto dunha xorda persecución e dunha vinganza friamente calculada. As catro circunstancias capitais da porta pechada, das zapatillas esquecidas, da falta de lume, do candeeiro no seu cuarto, podían por si soas revelarlle esa terrible inimizade da que as últimas consecuencias só o ían golpear cando fosen irreparables. Mentres conciliaba o sono, o bo do vigairo espremía, aínda que inutilmente, os miolos pero non se daba explicado a conducta singularmente descortés da señorita Gamard. En efecto, despois de ter actuado con toda lóxica noutrora, obedecendo ás leis naturais do seu egoísmo, éralle imposible adiviña-los seus erros con respecto á súa patroa. Se as grandes cousas son simples de comprender e doadas de expresar, as miudezas da vida cotiá queren moitos detalles. Os acontecementos que constitúen, por así dicir, o proscenio deste drama burgués, pero no que as paixóns resultan ser tan violentas coma se fosen exacerbadas por grandes intereses, esixían esta longa introducción e sería difícil para un historiador exacto capta-lo seu minucioso desenvolvemento. Ó día seguinte, ó acordar, Birotteau pensou con tal intensidade no seu canonicato, que non se lembrou máis das catro circunstancias nas que albiscara, a véspera, os sinistros prognósticos dun futuro cheo de desgracias. O vigairo non era un home que se erguese sen o seu lume, chamou para avisar a Marianne de que xa espertara, para que acudise onda el; despois, quedou, coma de costume, mergullado nunha somnolencia meditativa durante a cal a criada, mentres lle acendía a cheminea, adoitaba sacalo docemente daquel último sono cos rumores das súas interpelacións e das súas idas e vindas, especie de música que lle agradaba. Pasou media hora sen que Marianne aparecese. O vigairo, cóengo a medias, ía chamar de novo, pero soltou o cordón do timbre cando oíu un ruído de pasos de home na escaleira. En efecto, o padre Troubert, despois de petar discretamente á porta, entrou, a invitación de Birotteau. Esta visita, que os dous abades se facían con bastante regularidade un ó outro unha vez por mes, non sorprendeu ó vigairo. Ó entrar, o cóengo asombrouse de que Marianne aínda non tivese acendido o lume do seu case colega. Abriu unha fiestra, chamou con rudeza por Marianne, díxolle que viñese onda Birotteau; despois, virando cara ó seu irmán, dixo: —Se a señorita soubese que Marianne aínda non lle acendeu o lume, habíalle rifar. Tras estas palabras, interesouse pola saúde de Birotteau e preguntoulle, cun ton doce, se tiña algunhas noticias recentes que lle fixesen esperar ser nomeado cóengo. O vigairo explicoulle as súas xestións e díxolle inxenuamente quen eran as persoas coas que trataba a señora de Listomère, ignorando que Troubert nunca lle perdoara a aquela dama que non o recibise na súa casa, a el, o padre Troubert, xa por dúas veces designado vigairo xeral da diocese. Imposible atopar dúas figuras que ofrecesen os contrastes que presentaban as daqueles dous sacerdotes. Troubert, alto e seco, tiña o cute amarelo e bilioso, mentres que o vigairo era o que se chama familiarmente regordecho. Redonda e colorada, a faciana de Birotteau mostraba unha bonhomía sen ideas; mentres que a de Troubert, longa e sucada por profundas engurras, contraíase en certos momentos cunha expresión chea de ironía ou de desdén: pero, con todo, había que examinala con atención para descubrir eses dous sentimentos. O cóengo permanecía habitualmente en perfecta calma, mantendo as pálpebras case sempre baixas sobre dous ollos alaranxados cunha mirada que se tornaba ó seu capricho clara e penetrante. Uns cabelos roxos completaban aquela sombría fisionomía, escurecida sen cesar polo veo que botaban sobre os seus riscos graves meditacións. Moitas persoas puideran crelo, ó principio, absorto nunha alta e profunda ambición; pero as que pretendían coñecelo mellor terminaran por destruír esta opinión mostrándoo aparvado polo despotismo da señorita Gamard ou fatigado por longos xaxúns. Raramente falaba e non ría xamais. Cando lle acontecía resultar agradablemente impresionado por algo, escapáballe un feble sorriso que se perdía entre os pregues da súa cara. Birotteau, pola contra, era todo expansión, todo franqueza, gustábanlle os bos bocados, divertíase con calquera bagatela, coa simplicidade dun home sen fel nin malicia. O abade Troubert, a primeira vista, causaba un sentimento de terror involuntario, mentres que o vigairo provocaba un sorriso doce. Cando o alto cóengo andaba, con paso solemne, a través das arcadas e das naves de Saint-Gatien, coa fronte baixa e a ollada severa, impoñía respecto: a súa silueta arqueada harmonizaba coas bóvedas amarelas da Catedral, os pregues da súa sotana tiñan algo de monumental, digno da estatutaria. Pero o bo do vigairo circulaba por alí sen gravidade, trotaba, choutaba, parecía rodar sobre si mesmo. Aqueles dous homes, sen embargo, tiñan un parecido. Así como o aire ambicioso de Troubert, dando lugar a temelo, contribuíra quizás a condenalo ó insignificante papel de simple cóengo, o carácter e o aspecto de Birotteau parecían destinalo a ser eternamente vigairo da Catedral. Nembargantes o abade Troubert, chegado á idade de cincuenta anos, pola mesura da súa conducta, pola aparencia dunha falta total de ambición e pola súa santa vida, disipara tódolos temores que a súa sospeitada capacidade e o seu terrible aspecto exterior inspiraran ós seus superiores. Dado que incluso a súa saúde se alterara gravemente dende había un ano, parecía probable o seu próximo ascenso á vigairía xeral do Arcebispado. Os seus mesmos competidores desexaban o seu nomeamento, a fin de poder prepara-lo propio durante os poucos días que lle serían concedidos por unha enfermidade xa crónica. Lonxe de ofrece-las mesmas esperanzas, a triple papada de Birotteau presentaba ós competidores que lle disputaban o canonicato os síntomas dunha saúde florecente e a súa gota parecía ser, segundo o proverbio, un seguro de lonxevidade. O abade Chapeloud, home de gran sabedoría e dunha amabilidade que o fixera apreciar por moita xente distinguida e polos diferentes xefes da metrópole, sempre se opuxera, se ben secretamente e con moita intelixencia, ó ascenso do abade Troubert; mesmo lle impedira habilmente o acceso a tódolos salóns nos que se reunía a mellor sociedade de Tours, aínda que durante a súa vida Troubert o tratara sempre con gran respecto, testemuñándolle en toda ocasión a máis alta deferencia. Esta constante submisión non lograra cambiar en nada a opinión do defunto cóengo que, durante o seu derradeiro paseo, aínda lle dicía a Birotteau: —¡Non se fíe dese pao teso de Troubert! É Sixto V4 reducido ás proporcións do Bispado. Tal era o amigo, o comensal da señorita Gamard que, ó día seguinte de que ela lle declarase, por así dicir, a guerra ó pobre Birotteau, viña visitalo e darlle mostras da súa amizade. —Hai que lle perdoar a Marianne –dixo o cóengo ó vela entrar–. Creo que comezou por vir ó meu cuarto. As miñas dependencias son moi húmidas e esta noite tusín moito. Vostede ten unha estancia moi sa aquí –engadiu, mirando para as cornixas. —¡Oh! eu estou aquí coma un cóengo –respondeu Birotteau, sorrindo. —E eu coma un vigairo –replicou o humilde sacerdote. —Si, pero vostede axiña ha ir vivir no Arcebispado –dixo o bo do cura, que quería que todo o mundo fose feliz. —¡Ai!, ou no cemiterio. Pero, que se faga a vontade de Deus. –E Troubert alzou os ollos ó ceo nun xesto de resignación–. Eu viña –engadiu– pregarlle que me prestase o rexistro dos beneficios do Bispado. Só vostede, en todo Tours, ten esa obra. —Cóllao aí na miña biblioteca –respondeu Birotteau, ó que a última frase do cóengo recordoulle tódalas vantaxes da súa vida. O alto cóengo pasou á biblioteca e permaneceu alí o tempo que o vigairo botou en vestirse. Pronto se sentiu a campá do almorzo e o gotoso, crendo que sen a visita de Troubert non tería lume para erguerse, pensou: «¡É un bo home!» Os dous sacerdotes descenderon xuntos, armados de cadanseu enorme infolio, que pousaron nunha das consolas do comedor. —¿Que é isto? –preguntou con voz agre a señorita Gamard, dirixíndose a Birotteau–. Espero que non me ateiguen o comedor cos seus libros. —Son uns libros que necesito –respondeu o padre Troubert–, o señor vigairo tivo a amabilidade de prestarmos. —Tiña que telo adiviñado –dixo ela, deixando escapar un sorriso desdeñoso–. O señor Birotteau non le moito neses grosos libros. —¿Como se encontra vostede, señorita? –repuxo o hóspede cunha voz afrautada. —Pois, non moi ben –respondeu ela secamente–. Vostede é a causa de que acordara onte durante o primeiro sono e xa me estragou a noite. Ó sentar, a señorita Gamard engadiu: —Señores, o leite arrefría. Estupefacto ó recibir unha acollida tan aceda por parte da anfitriona cando el esperaba as súas desculpas, pero atemorizado, coma tódalas xentes tímidas, ante a perspectiva dunha discusión, sobre todo cando eles son o obxecto da mesma, o pobre vigairo sentou en silencio. Despois recoñecendo no rostro da señorita Gamard os síntomas dun aparente mal humor, permaneceu en constante guerra coa súa razón, que lle ordenaba non sufrir pola falta de atencións da patroa, mentres que o seu carácter o levaba a evitar unha querela. Presa desa angustia interior, Birotteau comezou por examinar seriamente as grandes liñas verdes pintadas no groso hule que, por un costume inmemorial, a señorita Gamard poñía na mesa para o almorzo, sen se preocupar dos bordos gastados nin das numerosas cicatrices daquel mantel. Os dous hóspedes atopábanse instalados en cadansúa cadeira de cana, un fronte o outro, a cada extremo daquela mesa rexiamente cadrada, o centro da cal estaba ocupado pola patroa que a dominaba desde a súa cadeira elevada, provista de coxíns e pegada á estufa do comedor. Esta sala e o salón común estaban situados na planta baixa, debaixo do cuarto e do salón do abade Birotteau. Cando o vigairo recibiu da señorita Gamard a súa cunca de café con azucre quedou xeado polo profundo silencio no que ía cumpri-lo acto habitualmente tan ledo do seu almorzo. Non se atrevía a mirar nin a cara árida de Troubert nin o rostro ameazador da solteirona e volveuse cara un dogo grande e gordo que, deitado nun coxín preto da estufa, non se movía nunca e tiña sempre á súa esquerda un pratiño cheo de lambetadas e á súa dereita unha cunca chea de auga clara. —¿E logo, bonito, seica agardas polo teu café? Este personaxe, un dos máis importantes da casa, pero pouco molesto porque xa non ladraba e deixáballe a palabra á súa ama, alzou cara a Birotteau uns olliños perdidos baixo os pregues formados na súa cara pola graxa, despois pechounos retranqueiro. Para comprende-lo sufrimento do pobre vigairo cómpre dicir que, dotado dunha locuacidade oca e sonora coma o estrondo dun globo, pretendía, sen ter xamais podido darlles unha soa razón da súa opinión ós médicos, que as palabras favorecían a dixestión. A señorita, que compartía esta doutrina hixiénica, aínda non deixara, malia o seu mal entendemento mutuo, de falar durante as comidas; pero, xa había varias mañás que o vigairo gastara inutilmente a súa intelixencia en facerlle preguntas insidiosas para conseguir que soltase a lingua. Se os límites estreitos nos que se encerra esta historia permitisen dar conta dunha soa desas conversas que excitaban case sempre o sorriso amargo e sardónico do abade Troubert, esta ofreceríanos unha pintura fiel da vida simplona dos provincianos. Algunha xente intelixente escoitaría se cadra con pracer, as estrañas explicacións que o abade Birotteau e a señorita Gamard daban sobre as súas opinións con respecto á política, a relixión e a literatura. Certamente habería algo cómico en expoñer ou as razóns que tiñan os dous de dubidar seriamente, en 18265, da morte de Napoleón, ou as conxecturas que lles facían crer na existencia de Luís XVII, salvado dentro dunha barrica6. ¿Quen non había rir ó oírlles establecer, por razóns ben evidentemente deles dous, que o rei de Francia dispoñía el só de tódolos impostos, que as Cámaras foran reunidas para destruí-lo clero, que morreran máis de un millón trescentas mil persoas no cadafalso durante a Revolución? Despois falaban da Prensa sen coñece-lo número de xornais, sen te-la máis mínima idea do que era ese instrumento moderno. En fin, o señor Birotteau escoitaba atentamente á señorita Gamard cando dicía que un home alimentado cun ovo cada mañá debía morrer infaliblemente á fin do ano, e que xa se dera o caso; que un boliño de pantrigo, comido sen beber durante varios días, curaba a ciática; que tódolos obreiros que traballaran na demolición da abadía de Saint-Martin morreran no espacio de seis meses; que certo prefecto fixera todo o que puidera, baixo Bonaparte, por arruina-las torres de Saint-Gatien; e mil outros contos absurdos. Pero naquel momento Birotteau sentía a lingua morta, así que se resignou a comer sen establecer conversación. Axiña atopou aquel silencio perigoso para o seu estómago e dixo, ousado: —¡Que café tan excelente! Ese acto de valentía foi completamente inútil. Tras mirar ó ceo polo pequeno espacio que separaba os dous arcobotantes negros de Saint-Gatien sobre o xardín, o vigairo aínda tivo o valor de dicir: —Hoxe vai facer mellor día ca onte... A estas palabras a señorita Gamard contentouse con bota-la máis graciosa das miradas ó padre Troubert e volveu uns ollos cargados de terrible severidade cara a Birotteau, que por sorte baixara os seus. Ningunha criatura do xénero feminino podía representar mellor cá señorita Gamard a natureza elexíaca da solteirona; pero para pintar con exactitude un ser con carácter que presta un inmenso interese ós pequenos acontecementos deste drama e á vida anterior dos personaxes que son os seus actores, quizá sexa necesario resumir aquí as ideas que teñen a súa expresión nas solteironas: a vida habitual forma a alma, a alma forma a fisionomía. Se todo, na sociedade coma no mundo, debe ter un obxectivo, hai certamente aquí abaixo algunhas existencias das que o obxectivo e utilidade son inexplicables. A moral e maila economía política rexeitan igualmente o individuo que consume sen producir, que ocupa un lugar sobre a terra sen espallar arredor del nin o ben nin o mal: pois o mal é sen dúbida un ben do que os resultados non se manifestan inmediatamente. É raro que as solteironas non se coloquen elas mesmas nesa clase de seres improductivos. Agora ben, se a conciencia do seu traballo lle da ó ser activo un sentimento de satisfacción que lle axuda a soporta-la vida, a certeza de ser unha carga, ou un inútil, debe produci-lo efecto contrario e inspirarlle ó ser inerte o desprezo por si mesmo que provoca nos outros. Esta dura reprobación social é unha das causas que, sen que as solteironas sexan conscientes, contribúen a poñer nas almas destas a dor que expresan os seus rostros. Un prexuízo que ten quizá algo de verdade, provoca constantemente por todas partes, e en Francia aínda máis que noutros lados, un gran rexeitamento sobre a muller coa que ninguén quixo comparti-los seus bens nin soporta-los males da vida. Ora, chega para as mulleres solteiras unha idade na que o mundo, con razón ou sen ela, as condena co desdén do que son víctimas. Non sendo agraciadas, a bondade do seu carácter debería compensa-las imperfeccións da natureza; sendo bonitas, a súa desgracia debeu fundarse en causas graves. Non se sabe cales, se unhas ou as outras, son máis dignas de rexeitamento. Se o seu celibato foi razoado, se é un desexo de independencia, nin os homes, nin as nais lles perdoarán ter faltado á abnegación da muller, negándose as paixóns que fan o seu sexo tan conmovedor: renunciar ás súas dores é abdicar da poesía e non merecer xa o doce consolo ó que unha nai ten sempre o indiscutible dereito. Ademais, os sentimentos xenerosos, as calidades exquisitas da muller só se desenvolven co seu constante exercicio, permanecendo solteira, unha criatura do sexo feminino non é máis que un absurdo: egoísta e fría, horroriza. Este decreto implacable desgraciadamente é demasiado xusto como para que as solteironas ignoren os motivos. Esas ideas xerminan no seu corazón con tanta naturalidade como os efectos da súa triste vida se reproducen nas súas faccións. Así que se murchan, porque a distracción constante ou a felicidade, que fai florece-la cara das mulleres e lles dá esa suavidade de movementos, nunca existiu nelas. Logo, vólvense acedas e tristes xa que un ser que non realizou a súa vocación é desgraciado; sofre, e o sufrimento xera a maldade. En efecto, antes de reprocharse a si mesma o seu illamento, unha muller solteira acusa por longo tempo ós demais. Da acusación ó desexo de vinganza non hai máis que un paso. Por último, a falta de gracia das súas persoas é un resultado máis das súas vidas. Non tendo sentido nunca a necesidade de gustar, a elegancia e o bo gusto sonlles alleos. Non se ven máis que elas en si mesmas. Este sentimento lévaas, insensiblemente, a escoller entre as cousas que lles son cómodas en detrimento das que lles poden ser agradables ós demais. Sen se decataren ben da súa diferencia coas outras mulleres, terminan por vela e por sufrir. Os celos son un sentimento indeleble nos corazóns femininos. As solteironas son celosas no baleiro, e non coñecen máis que a infelicidade da única paixón que os homes lle perdoan ó belo sexo, porque os afaga. Así, torturadas en tódalas súas ansias, obrigadas a negarse ó desenvolvemento da súa natureza, experimentan sempre un malestar interior ó que non se habitúan nunca. ¿Non é duro, a calquera idade, sobre todo para unha muller, ler en tódalas caras un sentimento de repulsión, cando está no seu destino non espertar arredor delas, nos corazóns, máis que sensacións agradables? Por iso, unha solteirona sempre mira de esguello, menos por modestia que por medo e vergonza. Eses seres non lle perdoan á sociedade a súa falsa posición, porque non se perdoan a si mesmos. Agora ben, a unha persoa élle imposible estar perpetuamente en guerra con ela mesma, ou en contradicción coa vida, deixar ós outros en paz e non envexa-la súa felicidade. Este mundo de ideas tristes aparecía todo enteiro nos ollos grises e apagados da señorita Gamard; e o amplo círculo negro que os bordeaba acusaba os longos combates da súa vida solitaria. Tódalas engurras do seu rostro eran rectas. A armazón da fronte, da cabeza e das meixelas tiña as características da rixidez e da sequidade. Deixaba medrar sen coidado ningún os pelos, noutrora castaños, esparexidos polo queixelo. Os seus delgados labios a penas lle cubrían os dentes demasiado longos, non exentos de brancura. Era morena e o seu cabelo, noutro tempo negro, branqueara por culpa de horribles xaquecas. Este accidente obrigábaa a levar un postizo; pero como non o sabía colocar de xeito que lle disimulase o nacemento, case sempre aparecían lixeiros intersticios entre o bordo do gorro e o cordón negro que sostiña aquela media perruca bastante mal amañada. O vestido, de tafetá no verán, de la no inverno, pero sempre de cor carmelita, apertáballe un algo de máis o talle sen gracia e os brazos fracos. A gorgueira, sempre repregada, deixaba ver un colo de pel vermella tan artisticamente raiada coma unha folla de carballo vista a contraluz. A súa orixe explicaba bastante ben as calamidades da súa configuración. Era filla dun madeireiro, unha especie de advido de orixe campesiña. Ós dezaoito anos se cadra fora fresca e gordecha pero xa non lle quedaban trazas nin da brancura de cute nin das bonitas cores que se gababa de que tivera. Os tons da súa carne contraeran a cor esbrancuxada bastante común nas beatas. O nariz aquilino era, de tódolos riscos da cara, o que máis contribuía a expresa-lo despotismo das súas ideas, igual que a forma plana da fronte traducía a súa estreiteza de ideas. Os seus movementos tiñan unha estraña brusquidade que excluía toda gracia; e só con vela saca-lo pano do bolso para asoarse ruidosamente, adiviñariáde-lo seu carácter e os seus costumes. De estatura bastante elevada, mantíñase moi dereita e xustificaba a observación dun naturalista que ten explicado fisicamente o xeito de andar de tódalas solteironas pretendendo que as súas xunturas se soldan. Camiñaba sen que o movemento se distribuíse por igual na súa persoa e producise esas ondulacións tan graciosas e atraentes nas mulleres; ía, por así dicir, dunha soa peza, parecendo xurdir a cada paso, coma a estatua do Comendador. Nos seus momentos de bo humor, daba a entender, como fan tódalas solteironas, que puidera casar, pero que por sorte advertira a tempo a mala fe do seu pretendente, e facíalle así, sen o saber, un proceso ó seu corazón en favor do seu espírito calculador. Esta figura típica do xénero solteirona, quedaba moi ben enmarcada polas grotescas invencións dun papel vernizado que representaba paisaxes turcas e que adornaba as paredes do comedor. A señorita Gamard permanecía habitualmente naquela peza decorada con dúas consolas e un barómetro. No sitio de cada sacerdote atopábase un pequeno coxín de tapicería coas cores esvaecidas. O salón común onde recibía era digno dela. Pronto será coñecido facendo observar que se chamaba o Salón Amarelo: as tapicerías eran amarelas, os mobles e os tapices amarelos; sobre a cheminea ornamentada cun espello de marco dourado, uns candeeiros e un reloxo de cristal lanzaban ós ollos un lampexo duro. En canto ás estancias privadas da señorita Gamard, ninguén tivera permiso para entrar alí. Só se podía conxecturar que estaban cheas desas teas, deses mobles gastados, desa especie de farrapos dos que se rodean tódalas solteironas e que teñen en tanta estima. Tal era a persoa destinada a exerce-la meirande influencia sobre os derradeiros días do abade Birotteau. A falta de exercer, segundo o dictame da natureza, a actividade propia da muller e pola necesidade na que se vía de despregala, aquela muller transportáraa a mesquiñas intrigas, ás latricadas provincianas e ás combinacións egoístas nas que acaban por se entreter tódalas solteironas. Birotteau, para desgracia súa, producira en Sophie Gamard o único sentimento que lle fose posible experimentar a aquela pobre criatura, o do odio que, latente ata entón por mor da calma e da monotonía dunha vida provinciana cun horizonte máis limitado aínda para ela, debía adquirir maior intensidade sobre todo porque se ía exercer sobre pequenas cousas e nunha esfera reducida. Birotteau era unha desas persoas que están predestinadas a sufrir todo porque, non sabendo ver nada, non poden evitar nada: pásalles de todo. —Si, vai vir bo tempo –respondeu despois dun momento o cóengo, que pareceu saír da súa meditación e querer practica-la lei da cortesía. Birotteau, asustado polo lapso que pasara entre a pregunta e a resposta, pois por primeira vez na súa vida tomara o café sen falar, abandonou o comedor, onde o corazón se lle apertara coma nun puño. Sentido como a cunca de café lle pesaba no estómago, foi pasear tristemente polas pequenas avenidas estreitas, bordeadas de buxo que trazaban unha estrela no xardín. Pero ó virar, trala primeira volta, viu na porta do salón a señorita Gamard e o abade Troubert, alí plantados en silencio: el, cos brazos cruzados e inmóbil coma a estatua dunha tumba; ela, apoiada na porta de persiana. Mirábano e ámbolos dous parecían conta-los seus pasos. Nada é máis molesto para unha criatura naturalmente tímida que ser obxecto dun exame curioso; pero se este se fai coa mirada do odio, a especie de sufrimento que causa tórnase un martirio intolerable. Axiña o abade Birotteau imaxinou que impedía pasear á señorita Gamard e mais ó cóengo. Esta idea, inspirada á vez polo temor e pola bondade, colleu tal forza que lle fixo abandona-lo lugar. Marchou, sen pensar xa máis no seu canonicato, tan abstraído estaba pola desesperante tiranía da solteirona. Atopou, por casualidade e por sorte para el, moita ocupación en Saint-Gatien, onde houbo varios enterros, unha voda e dous bautismos. Puido, entón, esquece-las súas penas. Cando o estómago lle anunciou a hora de comer, sacou o seu reloxo non sen medo, e viu que xa pasaba das catro. Coñecía a puntualidade da señorita Gamard, así que se apresurou a volver á casa. Albiscou na cociña os pratos do primeiro servicio, xa retirados. Logo, cando chegou ó comedor, a solteirona díxolle cun ton de voz no que se reflectían igualmente a acritude dun reproche e a ledicia de coller ó seu hóspede en falta: —Son as catro e media, señor Birotteau. Ben sabe que non debemos esperar. O vigairo mirou a esfera do reloxo do comedor e, pola maneira en que estaba colocada a envoltura de gasa destinada a evitarlle o po, comprobou que a anfitriona lle dera corda pola mañá, compracéndose en adiantalo con respecto ó reloxo de Saint-Gatien. Non había obxección posible. A expresión verbal da sospeita concibida polo vigairo causaría a máis terrible e a máis xustificada das elocuentes explosións que a señorita Gamard sabía, coma tódalas mulleres da súa clase, facer xurdir en semellante caso. As mil e unha contrariedades que unha criada pode facer sufrir ó seu amo, ou unha muller ó seu home nos hábitos privados da vida, foron intuídas pola señorita Gamard, para abafar ó seu hóspede. A maneira en que se deleitaba en urdi-las súas conspiracións contra o benestar doméstico do pobre cura levaba o selo do máis malicioso talento. Amañouse para que non parecese que se equivocaba nunca. Oito días máis tarde do momento en que comeza este relato, a vida naquela casa e as relacións que o abade Birotteau tiña coa señorita Gamard reveláronlle unha trama urdida con seis meses de antelación. Mentres que a solteirona exercera a súa vinganza sixilosamente e que o vigairo puidera manterse voluntariamente no error, negándose a crer en maliciosas intencións, o mal moral progresara pouco nel. Pero desde o asunto do candeeiro no cuarto e do reloxo adiantado, Birotteau xa non podía dubidar de que vivía baixo o imperio dun odio co ollo sempre aberto sobre el. Entón chegou rapidamente á desesperación, vendo, a todas horas, os dedos ganchudos e afiados da señorita Gamard listos para cravarse no seu corazón. A solteirona, feliz de vivir nun sentimento tan fértil en emocións como é o da vinganza, gozaba en planar, en pesar sobre o vigairo coma unha ave de presa plana e pesa sobre un rato antes de devoralo. Había moito que concibira un plano que o atordado sacerdote non podía adiviñar, e que non tardou en desenvolver, mostrando o xenio que saben despregar nas pequenas cousas as persoas solitarias cunha alma que, incapaz de senti-la grandeza da verdadeira piedade, se lanza ás minucias da devoción. ¡Último pero horroroso agravamento da dor! A índole das súas contrariedades impedíalle a Birotteau, home expansivo ó que lle gustaba ser compadecido e consolado, o pequeno alivio de contárllelas ós seus amigos. O pouco tacto que lle debía á súa timidez facíalle temer face-lo ridículo ocupándose de semellantes parvadas. E sen embargo aquelas parvadas compoñían toda a súa existencia, a súa querida existencia chea de ocupacións no baleiro e de baleiro nas ocupacións; vida opaca e gris na que os sentimentos demasiado fortes eran desgracias, na que a ausencia de toda emoción representaba a felicidade. O paraíso do pobre sacerdote mudou así subitamente en inferno. Finalmente os seus sufrimentos fixéronse intolerables. O terror que lle causaba a perspectiva dunha explicación coa señorita Gamard foi medrando de día en día; e a infelicidade secreta que murchaba as horas da súa vellez, alteroulle a saúde. Unha mañá, ó poñe-las súas medias azuis bordadas, observou oito puntos soltos na circunferencia da mazá da perna. Estupefacto ante ese diagnóstico tan cruelmente irrecusable, resolveu facer unha tentativa cabo do abade Troubert para pedirlle que interviñese oficiosamente entre a señorita Gamard e el. Ó atoparse en presencia do impoñente cóengo que, para recibilo nunha estancia núa, saíu pomposamente do gabinete cheo de papeis onde traballaba sen cesar e onde non penetraba ninguén, ó vigairo case lle deu vergoña falarlle das provocacións da señorita Gamard a un home que semellaba tan ocupado en cousas tan serias. Pero tras sufrir tódalas angustias desas deliberacións interiores que a xente humilde, indecisa ou débil sente mesmo por cousas sen importancia, decidiuse a explicarlle a súa posición ó abade Troubert, non sen senti-lo seu corazón acelerado por unhas extraordinarias palpitacións. O cóengo escoitou cun aspecto grave e frío, intentando, aínda que en van, reprimir certos sorrisos que quizá revelarían as emocións dunha alegría íntima a uns ollos máis intelixentes. Unha chama pareceu que escapaba das súas pálpebras cando Birotteau lle pintou, coa elocuencia que dan os sentimentos verdadeiros, a constante amargura que sufría; pero Troubert puxo a man sobre os ollos nun xesto bastante familiar ós pensadores, e mantivo a súa actitude de dignidade habitual. Cando o vigairo acabou de falar, custaríalle traballo buscar no rostro de Troubert, agora marcado por unhas manchas aínda máis amarelas das que presentaba ordinariamente a súa cor biliosa, algunha traza dos sentimentos que debía excitar naquel misterioso sacerdote. Despois de permanecer silencioso por un momento, o cóengo deu unha desas respostas nas que tódalas palabras debían ser moi estudiadas para que o seu alcance fose perfectamente mesurado, pero que, máis tarde, probaban ás xentes reflexivas a asombrosa profundidade da súa alma e o poderío da súa intelixencia. Por fin, deixou a Birotteau abafado dicíndolle que: esas cousas asombrábano, sobre todo porque el nunca se tería decatado sen a confesión do seu irmán; atribuía este defecto de intelixencia ás súas serias ocupacións, ós seus traballos, e á tiranía de certos pensamentos elevados que non lle permitían fixarse nos detalles da vida. Fíxolle observar, pero sen que parecese querer censura-la conducta dun home con idade e coñecementos que merecían o seu respecto, que «noutrora os solitarios raramente pensaban na comida ou na vivenda, desde o fondo das súas tebaidas nas que se entregaban a santas contemplacións» e que hogano, o sacerdote podía, co pensamento, facerse por todas partes unha tebaida. Despois, volvendo a Birotteau, engadiu que esas discusións eran novas para el. Durante doce anos, nada semellante ocorrera entre a señorita Gamard e o venerable padre Chapeloud. En canto a el, sen dúbida, podía, engadiu, se-lo árbitro entre o vigairo e a súa anfitriona, porque a súa amizade por ela non excedía os límites impostos polas leis da Igrexa ós seus fieis servidores; pero que entón a xustiza esixía que oíse tamén á señorita Gamard. Que, por outra parte, non encontraba nada cambiado nela, que sempre a vira así, que el se sometera voluntariamente a algúns dos seus caprichos, sabendo que aquela respectable señorita era a bondade e a dozura mesmas, que había que atribuí-los seus lixeiros cambios de humor ós sufrimentos causados por unha pulmonía da que ela non falaba, e á que se resignaba como verdadeira cristiá... Terminou dicíndolle ó vigairo que «cuns poucos anos máis que pasase onda a señorita, sabería apreciala mellor e recoñece-los tesouros daquel excelente carácter». O abade Birotteau saíu confundido. Na fatal necesidade en que se atopaba de non lle pedir consello a ninguén, xulgou a señorita Gamard ó seu aire. O bo do home creu que ausentándose algúns días apagaría, por falta de alimento, o odio que lle tiña aquela muller. Así que resolveu ir, coma noutro tempo, pasar varios días ó campo, á casa onde a señora de Listomère ía contra a fin do outono, época na que o aire é polo regular puro e doce na Turena. ¡Pobre home! Cumpría así precisamente os desexos secretos da súa terrible inimiga, os proxectos da cal só podían ser descubertos cunha paciencia de monxe; pero, sen presentir nada, sen coñecer sequera os seus propios asuntos, ía sucumbir coma un año ó primeiro golpe do carniceiro. A propiedade da señora de Listomère, situada nunha costa que se encontra entre a vila de Tours e os outeiros de Saint-Georges, exposta ó mediodía e rodeada de rochas, ofrecía as avantaxes do campo e tódolos praceres da vila. En efecto, non facían falla máis de dez minutos para chegar da ponte de Tours á porta daquela casa, chamada l'Alouette; vantaxe preciosa nunha comarca onde ninguén se quere molestar por nada, nin sequera para irse divertir. O padre Birotteau levaba uns dez días en l'Alouette cando unha mañá, á hora do almorzo, o porteiro veulle anunciar que o señor Caron desexaba falar con el. O señor Caron era o avogado encargado dos asuntos da señorita Gamard. Birotteau nin se lembraba e, non tendo ningún punto de litixio con quen fose no mundo, deixou a mesa preso dunha certa ansiedade para ir onda o avogado: atopouno modestamente sentado na balaustrada dunha terraza. —A súa intención de non seguir vivindo na casa da señorita Gamard é evidente... –dixo o avogado. —¡Ei, señor! –exclamou o abade Birotteau interrompéndoo–, eu nunca pensei en deixala. —Sen embargo, señor –repuxo o avogado–, algo diso debeulle explicar á señorita, porque ela envíame para saber se vai quedar moito tempo no campo. Non estando previsto o caso dunha longa ausencia no seu contrato, pode ser obxecto de litixio. Agora ben, a señorita Gamard entendendo que a súa pensión... —Señor –dixo Birotteau, sorprendido e volvendo interromper ó avogado–, non cría que fose necesario empregar vías case xudiciais para... —A señorita Gamard, que quere evitar toda contrariedade –dixo o señor Caron–, mándame para que me entenda con vostede. —¡Pois ben! Se quere te-la amabilidade de volver mañá –repuxo Birotteau–, eu consultarei pola miña banda. —Sexa –dixo Caron, saudando. E o leguleio retirouse. O pobre vigairo espantado pola persistencia coa que a señorita Gamard o perseguía, regresou ó comedor da señora de Listomère presentando unha cara tan trastornada que lle preguntaron todos: —¿E logo que lle pasa, señor Birotteau...? O abade, apesarado, sentou sen responder, completamente abraiado polas vagas imaxes da súa desgracia. Pero, despois do almorzo, cando varios dos seus amigos estiveron reunidos no salón ante un bo lume, Birotteau contoulles inxenuamente os detalles da súa aventura. Os seus oíntes, que comezaban a aburrirse da súa estancia no campo, interesáronse vivamente por aquela intriga, tan en harmonía coa vida de provincias. Todos tomaron partido polo abade contra a solteirona. —¡Como! –dixo a señora de Listomère–, ¿non ve vostede claramente que o abade Troubert quere as súas estancias? Aquí, o historiador debería esboza-lo retrato desa dama; pero pensou que aqueles mesmos para os que o sistema de cognomoloxía de Sterne7 é descoñecido, non poderían pronunciar estas tres palabras "Señora de Listomère" sen imaxinala nobre, digna, temperando os rigores da piedade coa vella elegancia dos costumes monárquicos e clásicos, con maneiras corteses, boa, pero un pouco tesa, lixeiramente fungona, permitíndose a lectura da Nova Heloísa, da comedia e aínda ía sen sombreiro. —¡O abade Birotteau non debe ceder ante esa vella argalleira! –exclamou o señor de Listomère, tenente de navío que viñera pasa-las vacacións á casa da súa tía. Se o vigairo ten valor e quere segui-los meus consellos, logo ha recupera-la súa tranquilidade. En fin, todos se puxeron a analiza-las accións da señorita Gamard con esa particular perspicacia da xente de provincias, á que non hai que lle nega-lo talento de saber descubri-los motivos máis secretos das accións humanas. —Non lles é así –dixo un vello terratenente que coñecía a rexión–. Aí hai algo grave que non acabo de comprender. O padre Troubert é demasiado profundo como para entendelo á primeira. Isto non é máis có comezo das dificultades do noso querido Birotteau. En primeiro lugar ¿quedará feliz e tranquilo mesmo se lle cede a súa vivenda a Troubert? Dubídoo. Se Caron lle veu dicir –engadiu, volvéndose cara ó sacerdote apampado–, que vostede tiña a intención de deixar á señorita Gamard é que seguramente a señorita Gamard ten a intención de botalo fóra da súa casa... ¡Pois ben! Sairá vostede polas boas ou polas malas. Esa clase de xente nunca arrisca nada e só xoga sobre seguro. Aquel vello fidalgo, chamado o Señor de Bourbonne, resumía tódalas ideas de provincias exactamente como Voltaire resumiu o espírito da súa época. Ese ancián seco e fraco, profesaba, en materia de vestimenta, a total indiferencia dun propietario de terras con valor que se cotiza en todo o departamento. A súa fisionomía, curtida polo sol da Turena, era menos espiritual ca fina. Habituado a sopesa-las palabras e a calcula-las accións, escondía a súa profunda circunspección baixo unha simplicidade enganosa. De maneira que, a máis lixeira observación bastaba para comprender que, igual ca un campesiño da Normandía, sempre saía gañando en tódolos seus negocios. Gran entendido en enoloxía, a ciencia favorita dos habitantes da Turena, conseguira redondea-las praderías dunha das súas propiedades gracias ós terreos de aluvión do Loira evitando todo proceso co Estado. Esa boa xogada déralle sona de home de talento. Se, fascinados pola conversación do Señor de Bourbonne, lle preguntasedes pola súa biografía a algún habitante da Turena: —¡Oh!, élle un zorro vello –sería a resposta proverbial de tódolos envexosos, e había moitos. En Turena, coma na maior parte das provincias, a envexa forma o fondo da lingua. A observación do Señor de Bourbonne creou momentaneamente un silencio durante o cal as persoas que compoñían aquel pequeno comité pareceron reflexionar. Estando nisto, foi anunciada a señorita Salomón de Villenoix. Acudira co desexo de serlle útil a Birotteau, chegaba de Tours e as noticias que traía cambiaron completamente a cara do asunto. No momento da súa chegada, todos, salvo o terratenente, aconsellaban a Birotteau que guerrease contra Troubert e Gamard, baixo os auspicios da sociedade aristocrática que o ía protexer. —O vigairo xeral, que se ocupa do traballo do persoal, acaba de enfermar e o Arcebispo confioulle o seu posto ó abade Troubert –dixo a señorita Salomon–. Agora, o nomeamento de cóengo depende enteiramente del. Ora ben, onte na casa da señorita de La Blottière, o padre Poirel falou das contrariedades que o padre Birotteau lle causaba á señorita Gamard, como para xustifica-la desgracia que vai caer sobre o noso bo abade: «O padre Birotteau é un home que necesitaba moito do padre Chapelou», dicía el; «e dende a morte dese virtuoso cóengo, está probado que...» E sucedéronse as suposicións e as calumnias. ¿Comprenden? —Troubert será vigairo xeral –dixo solemnemente o Señor de Bourbonne. —¡Vexamos! –exclamou a señora de Listomère, mirando a Birotteau–. ¿Que prefire vostede: ser cóengo, ou ficar na casa da señorita Gamard? —¡Ser cóengo! –foi o berro xeral. —¡Pois ben! –seguiu a señora de Listomère–, hai que lle da-la razón a Troubert é á señorita Gamard. ¿Non lle fan eles saber indirectamente, pola visita de Caron, que se vostede consente en deixalos será cóengo? ¡Unha cousa pola outra! Todos se admiraron da finura e da sagacidade da señora de Listomère, excepto o barón de Listomère seu sobriño, que lle dixo, cun ton cómico, ó Señor de Bourbonne: —Eu prefería o combate entre a Gamard e o Birotteau. Pero, para desgracia do vigairo, as forzas non eran iguais entre aquelas xentes de mundo e a solteirona apoiada polo abade Troubert. Pronto chegou o momento en que a loita se ía debuxar máis francamente, medrar e adquirir proporcións enormes. Seguindo o consello da señora de Listomère e da meirande parte dos seus partidarios, que comezaban a apaixonarse con aquela intriga aparecida na súa vida provinciana, enviouse un criado onda o señor Caron. O avogado volveu cunha celeridade notable que só asustou ó Señor de Bourbonne. —Pospoñamos toda decisión ata ter un informe máis amplo –foi a opinión daquel Fabio en batín ó que profundas reflexións lle revelaban as altas combinacións do taboleiro de xogo da Turena. Quíxolle explicar a Birotteau os perigos da súa posición. A sabedoría do zorro vello non conviña ás paixóns do momento, só obtivo unha leve atención. A conferencia entre o avogado e Birotteau durou pouco. O vigairo volveu todo asustado dicindo: —Pídeme un escrito que deixe constancia da miña renuncia. -—¿Que terrible palabra é esa? –dixo o tenente de navío. —¿Que significa iso? –exclamou a señora de Listomère. —Iso significa simplemente que o abade debe declarar que quere deixa-la casa da señorita Gamard –respondeu o Señor de Bourbonne, collendo un chisco de rapé. —¿Non é máis ca iso? ¡Asine! –dixo a señora de Listomère, mirando a Birotteau–. Se está seriamente decidido a saír da súa casa non hai ningún inconveniente en declara-la súa vontade. ¡A vontade de Birotteau! —Iso é xusto –dixo o Señor de Bourbonne, pechando a caixiña de rapé cun xesto seco, o significado do cal é difícil de expresar, pois era toda unha linguaxe–. Pero sempre é perigoso escribir –engadiu, pousando a caixiña sobre a cheminea cunha actitude que asustou ó vigairo. Birotteau atopábase tan atordado pola reviravolta de tódalas súas ideas, pola rapidez dos acontecementos que o sorprendían sen defensa, pola facilidade coa que os seus amigos trataban os asuntos máis caros á súa vida solitaria, que permanecía inmóbil, coma na lúa, sen pensar en nada pero escoitando e intentando comprende-lo sentido das rápidas palabras que todo o mundo prodigaba. Colleu o escrito do señor Caron e leuno, coma se a acta do avogado fose obxecto da súa atención; pero foi un movemento maquinal. E asinou aquel papel, polo que recoñecía renunciar voluntariamente tanto a vivir na casa da señorita Gamard, coma a ir comer aló, segundo o que acordaran entre eles. Cando o vigairo acabou de poñe-la súa sinatura, o señor Caron recolleu a acta e preguntoulle a qué lugar debía manda-la súa clienta as cousas que lle pertencían. Birotteau indicou a casa da señora de Listomère. Cun aceno, aquela señora consentiu en acoller ó padre por algúns días sen dubidar de que axiña había ser nomeado cóengo. O vello terratenente quería ver aquela especie de acta de renuncia e o señor Caron deulla. —E logo –preguntoulle ó vigairo despois de lela–, ¿hai acordos escritos entre vostede e a señorita Gamard?, ¿onde están? ¿cales son as estipulacións? —O contrato téñoo na casa –respondeu Birotteau. —¿E coñece vostede o seu contido? –preguntoulle o terratenente ó avogado. —Non señor –dixo o señor Caron, estendendo a man para recupera-lo papel fatal. «¡Ah!», pensou o vello propietario, «ti, señor avogado, ti seguro que sabes todo o que contén ese contrato; pero non che pagan para que nolo digas». E o Señor de Bourbonne devolveulle a renuncia ó avogado. —¿E onde vou meter tódolos meus mobles? –exclamou Birotteau–, ¡e os meus libros, a miña fermosa biblioteca, os cadros, o salón vermello, en fin, todo o meu mobiliario! E a desesperación do pobre home, que se sentía "transplantado", por así dicir, mostraba tal inxenuidade, pintaba tan ben a pureza dos seus costumes, a súa ignorancia das cousas do mundo, que a señora de Listomère e a señorita Salomon dixéronlle, para consolalo, co ton que empregan as nais cando lles prometen xoguetes ós fillos: —¿Non se irá preocupar por esas parvadas? Xa lle atoparemos unha casa menos fría e menos escura cá da señorita Gamard. E se non hai aloxamento que lle guste, pois unha de nós collerao como inquilino na nosa casa. Veña, imos xogar un tric-trac. Mañá vai ver ó señor abade Troubert para pedirlle que lle axude, xa verá como o ha de recibir ben. As xentes débiles tranquilízanse tan facilmente como se asustan. Así que, o pobre Birotteau, engaiolado pola perspectiva de vivir na casa da señora de Listomère, esqueceu a ruína, consumada sen remedio, da felicidade que desexara por tanto tempo e da que tan deliciosamente gozara. Pero, á noite, antes de adormecer, e coa dor dun home para o que a molestia dunha mudanza e de novos hábitos eran a fin do mundo, torturouse pensando onde podería atopar un emprazamento para a súa biblioteca tan cómodo coma a súa galería. Vendo os seus libros errantes, os mobles descolocados e as súas cousas en desorde, preguntouse mil veces por qué o primeiro ano que pasara na casa da señorita Gamard fora tan doce e o segundo tan cruel. E a súa aventura seguía sendo un pozo sen fondo no que caía a súa razón. O canonicato xa non lle parecía unha compensación suficiente a tantas desgracias e comparaba a súa vida cunha media á que un só punto solto fai esgazar toda a trama. Quedáballe a señorita Salomon. Pero ó perde-las súas vellas ilusións, o pobre cura xa non se atrevía a crer nunha nova amizade. Na citta dolente das solteironas, atópanse moitas, sobre todo en Francia, que a súa vida é un sacrificio nobremente ofrecido tódolos días a elevados sentimentos. Unhas permanecen orgullosamente fieis a un corazón que a morte lles arrebatou demasiado cedo; mártires do amor, encontran o segredo de ser mulleres pola alma. Outras obedecen a un orgullo de familia que día a día decae, para vergoña nosa, e sacrifícanse por axudar a un irmán, a uns sobriños orfos: esas convértense en nais, permanecendo virxes. Esas mulleres acadan o máis alto heroísmo do seu sexo, consagrando tódolos sentimentos femininos ó culto da desgracia. Idealizan a figura da muller renunciando ás recompensas do seu destino e non aceptando máis cás penas. Daquela viven rodeadas do esplendor da súa abnegación, e os homes inclinan respectuosamente a testa ante os seus riscos murchos. A señorita de Sombreuil non foi nin moza nin muller8; foi e será sempre unha poesía viva. A señorita Salomon pertencía a esas criaturas heroicas. A súa entrega era relixiosamente sublime porque debía producirse sen gloria, despois de ser un sufrimento cotián. Fermosa, nova, foi amada e amou; o seu pretendente perdeu a razón. Durante cinco anos, coa forza do amor, ela consagrárase á felicidade mecánica daquel desgraciado, asumindo tan ben a súa loucura que non o cría louco. Polo demais era unha persoa de costumes sinxelos, de linguaxe franca, e cun pálido rostro que non carecía de personalidade, malia a regularidade dos seus trazos. Nunca falaba dos acontecementos da súa vida. Só, por veces, os estremecementos súbitos que lle escapaban ó oí-lo relato dalgunha aventura horrible ou triste, revelaban nela as fermosas calidades que desenvolven as grandes dores. Trasladárase a Tours despois de perde-lo compañeiro da súa vida. Alí non podía ser apreciada no seu xusto valor e tiña sona de ser unha boa persoa. Facía o ben e achegábase, por gusto, ós seres débiles. Por iso o pobre vigairo lle inspirara naturalmente un fondo interese. A señorita de Villenoix, que ía á vila pola mañá, levou alá a Birotteau, deixouno diante da catedral, encamiñándose cara ó Claustro a onde ardía en desexos de chegar para salvar do naufraxio polo menos o canonicato, e vixia-lo traslado do seu mobiliario. Chamou, non sen experimentar violentas palpitacións de corazón, á porta daquela casa á que había catorce anos que adoitaba vir, na que vivira e da que debía exiliarse para sempre, despois de ter soñado con morrer alí en paz, a imitación do seu amigo Chapeloud. Marianne pareceu sorprendida de ver ó vigairo. El díxolle que viña falar co padre Troubert e dirixiuse cara á planta baixa onde vivía o cóengo; pero Marianne berroulle: —O padre Troubert xa non está aí, señor vigairo, está na súa antiga vivenda. Estas palabras causaron un horroroso estremecemento no vigairo que comprendeu por fin o carácter de Troubert e a profundidade dunha vinganza tan lentamente calculada, ó encontralo instalado na biblioteca de Chapeloud, sentado na fermosa cadeira gótica de Chapeloud, durmindo sen dúbida no leito de Chapeloud, gozando dos mobles de Chapeloud, aloxado no corazón de Chapeloud, anulando o testamento de Chapeloud e, por fin, desherdando o amigo dese Chapeloud que, durante tanto tempo, o mantivera postergado no salón da señorita Gamard, impedíndolle todo avance e pechándolle os salóns de Tours. ¿Por que toque de variña máxica tivera lugar aquela metamorfose? ¿Todo aquilo xa non lle pertencía a Birotteau? Certamente, vendo o aire sardónico co que Troubert contemplaba aquela biblioteca, o pobre Birotteau xulgou que o futuro vigairo xeral estaba seguro de posuí-los despoxos daqueles que odiara tan cruelmente a Chapeloud como inimigo e a Birotteau porque nel reencontraba a Chapeloud. Ante aquilo mil ideas se lle alzaron no corazón ó bo do home e sumírono nunha especie de meditación. Quedou inmóbil e como fascinado polos ollos de Troubert que o miraba fixamente: —Non penso, señor –dixo por fin Birotteau–, que vostede me queira privar das cousas que me pertencen. Se a señorita Gamard estaba impaciente por acomodalo mellor, non obstante, debe se-lo suficientemente xusta como para me deixa-lo tempo de recoñece-los meus libros e saca-los meus mobles. —Señor –dixo friamente o abade Troubert, sen deixar que aparecese no seu rostro ningún sinal de emoción–, a señorita Gamard informoume onte da súa partida a causa da cal aínda me é descoñecida. Se me instalou aquí foi por necesidade. O señor abade Poirel colleu o meu apartamento. Ignoro se as cousas que est& |