Pasatempo 4º da 1ª Xornada: VARDIELLO
Grannonia de Aprano foi unha muller de moito xuízo, pero tiña
un fillo chamado Vardiello que era o babecas máis completo daquela
vila; sen embargo, como os ollos das nais están engaiolados e
déixanse embelecar, profesáballe un profundo amor e sempre
o estaba gabando e agarimando, coma se fose a criatura máis fermosa
do mundo.
Esta Grannonia tiña unha galiña no choco, e puxera nela
tódalas esperanzas de conseguir unha boa niñada e tirarlle
bo proveito; e tendo que marchar por un asunto seu, chamou ó
fillo e díxolle:
—Filliño bonito da túa nai, escoita ben: ten conta
desta galiña, e se é que se levanta a peniscar fai que
volva ó niño, porque se non arrefrían os ovos e
logo non terás nin oviños nin rechouchíos.
—Déixao da miña conta –dixo Vardiello–,
que non llo dixeches a un xordo.
—Outra cousa –engadiu a nai–; olla, fillo bendito,
que dentro daquel aparador hai un tarro con veleno; mira que non teñas
a fea tentación de tocarlle, porque estiraría-la pata.
—¡Deus me garde! –respondeu Vardiello–. O veleno
non me vai facer mal; e ti, sabia coa cabeza tola, menos mal que me
avisaches, porque podía tropezar con el e non deixaba nin espiña
nin óso.
Daquela, a nai marchou e Vardiello quedou só; e por non perde-lo
tempo foi facer ó horto buratos cubertos de ramas e terra para
que caesen os nenos, cando, no mellor do choio, decatouse de que a galiña
estaba dando un paseo por fóra da alcoba, polo que se puxo a
berrar:
—Churra, churra, ven para acá, pasa para alá.
Pero a galiña non movía un pé e Vardiello, ó
ver que esta tiña algo de burro, despois do churra, churra púxose
a patexar cos pés, despois de patexar cos pés tiroulle
a gorra, e despois da gorra arreboloulle un pao, que ó darlle
de cheo fíxolle alonga-lo pescozo e estirar a pata.
Vardiello, ó ver aquela desgracia pensou en remedia-lo dano e,
facendo virtude da necesidade, para que non se arrefriasen os ovos baixou
os calzóns e sentouse no niño, pero tan de golpe que fixo
unha tortilla. Ó ver que armara unha dobre desfeita púxose
a dar cabezadas contra a parede, pero ó cabo, como tódalas
dores rematan cun bocado, sentindo ruxi-lo estómago decidiu enguli-la
galiña; e así, desplumándoa e ensartándoa
nun bo espeto, fixo unha gran fogueira e púxose a asala; e cando
case estaba lista, para facer todo en condicións, estendeu encol
dunha vella arca un bonito mantel acabado de lavar, e collendo unha
xerra, baixou á adega para sacar viño dun barril.
E no mellor do escanciado oíu un ruído, un balbordo, un
rebumbio pola casa que parecía que fosen cabalos armados; polo
cal, moi espantado, volveu os ollos e viu que un gatazo se apoderara
da galiña con espeto e todo, e que outro ía detrás
del berrando pola súa parte. Para remediar este dano, Vardiello
lanzouse coma un león furibundo detrás do gato, deixando,
coas présas, o barril aberto; e despois de xogar ás agachadas
por tódolos recantos da casa recuperou a galiña, pero
o barril baleirárase; e ó volver Vardiello alí
e ver que a fixera boa, baleirou el tamén o bocoi da súa
alma polos canaliños dos ollos. Pero como o asistía o
xuízo, para remediar aquel dano e que a nai non se decatase daquela
ruína, colleu un saco ben cheo, colmado, repleto, ateigado e
acugulado de fariña e esparexeuna polo chan mollado.
Malia todo isto, botando cos dedos a conta dos desastres sucedidos e
pensando que con semellantes burradas perdera o afecto de Grannonia,
adoptou a valente resolución de non deixar que a nai o atopase
vivo. Colleu entón o tarro de noces confeitadas que a nai lle
dixera que era veleno, e non levantou a man mentres non lle atopou o
fondo; e co bandullo ben cheo meteuse dentro do forno.
Entrementres, volveu a nai e, despois de petar un bo anaco, ó
ver que ninguén a oía, deulle un couce á porta;
entrou para dentro e chamou ó fillo a grandes voces, pero como
non respondía ninguén presaxiou un mal día e, con
renovado degoro, berrou máis forte:
—¡Vardiello, ai Vardiello! ¿Estás xordo, que
non oes? ¿Estás tolleito, que non corres? ¿Deuche
o teo, que non respondes? ¿Onde estás, cara de aforcado?
¿Onde te metiches, malnacido? ¡Debinte afogar cando te
parín!
Vardiello, que oíu este barullo, ó final dixo cunha voceciña
lastimosa:
—Velaquí estou, dentro do forno; e non me verás
máis, miña nai.
—¿Por que? –preguntou a pobre da nai.
—Porque estou envelenado –respondeu o fillo.
—Malpocada de min –engadiu Grannonia–. ¿E como
fixeches? ¿Que razón tiveches para cometer ese crime?
¿E quen che deu o veleno?
E Vardiello contoulle unha por unha tódalas proezas que fixera,
polo cal quería morrer, e non seguir facendo máis experimentos
no mundo.
Ó oír isto, a nai viuse negra e amargada, e custoulle
ferro e fariña sacarlle da cabeza a Vardiello aquel humor melancólico;
e como o quería entrañablemente, dándolle outras
larpeiradas sacoulle da cachola o asunto das noces confeitadas, que
non eran veleno, senón unha menciña para o estómago.
Así, despois de calmalo con boas palabras e facerlle mil agarimos,
sacouno de dentro do forno, e dándolle unha boa peza de pano
díxolle que a fose vender, advertíndolle que non tratase
daquel negocio con persoas de demasiadas palabras.
—¡Ben! –dixo Vardiello–. ¡Agora heite
servir ben, non o dubides!
E collendo o pano foi berrando pola cidade de Nápoles, a onde
levara a mercadoría: «¡Pano, pano!». Pero a
cantos lle dicían: «¿Que pano é ese?»,
el respondía: «Non quero nada contigo, que es de moitas
palabras». E se outro lle dicía: «¿A como
o vendes?», el chamáballe charlatán e dicíalle
que o atordara e lle rompera os tímpanos.
Ó cabo, ó ver no patio dunha casa deshabitada por culpa
dos trasnos unha estatua de estuco, o pobriño, rendido e esgotado
de tanto dar voltas, sentou nun poio e ó non ver que trafegase
ninguén pola casa, que parecía un casarío saqueado,
díxolle todo marabillado á estatua:
—Dime, amigo, ¿non vive ninguén nesta casa?
E vendo que non respondía pareceulle home de poucas palabras,
e dixo:
—¿Queres mercar este pano, que che fago un bo prezo?
E como a estatua seguía calada dixo:
—Abofé que atopei o que buscaba; cólleo e examínao,
e dáme o que queiras, que mañá volvo polos cartos.
Dito isto, deixou o pano onde sentara, e o primeiro fillo de nai que
entrou para facer algunha necesidade atopou a súa fortuna e levouna.
Vardiello volveu onda a nai sen o pano, e logo de contarlle como fora
o negocio, a esta houbo darlle un síncope, e díxolle:
—¿Cando vas ter cabeza? ¡Mira o que fixeches! ¡Vaste
acordar disto! Pero a culpa é miña por ser demasiado suave
de pulmóns; non te endereitei ó principio cunha boa brea
e agora decátome de que o médico piadoso fai a chaga incurable.
Pero estas trasnadas halas facer ata que un bo día te esnafres,
e entón habemos facer contas.
Vardiello, pola súa parte dicía:
—¡Cala, miña nai, que non ha ser como dis! ¿É
que non quére-lo diñeiro acabado de acuñar? ¿Que
pensas, que son de Giovi e que non sei o que fago? Agarda a mañá;
de aquí a Belvedere non hai moito, e xa verás como sei
poñerlle un mango a esta pa.
Ó chegar a mañá –cando as sombras da Noite
seguidas polos esbirros do Sol abandonan o país– Vardiello
foise ó patio onde estaba a estatua e dixo:
—Bos días, señor; ¿vasme dar aqueles catro
reais? Veña, págame o pano.
Pero ó ver que a estatua seguía muda colleu unha pedra
e guindoulla con toda a forza e de punta ó medio do peito, de
xeito que lle rompeu unha vea; e isto foi a salvación da súa
casa, porque tras caer catro cascallos, apareceu unha ola chea de escudos
de ouro, que agarrou a dúas mans e correu á casa ás
alancadas, berrando:
—¡Miña nai, miña nai, mira cantos chícharos
vermellos!
A nai, ó ve-los cartos e sabendo que o fillo ía ir contando
o asunto, díxolle que fose á porta por ver se pasaba o
vendedor de requeixo, que lle quería comprar un cuartillo de
leite. Vardiello, que era un pasmón, sentou de contado diante
da porta, e durante máis de media hora a nai fixo chover pola
fiestra máis de seis cucuruchos de pasas e figos secos, que Vardiello
recollía berrando:
—¡Miña nai, ai miña nai, saca tarteiras, pon
tinas, trae baldes, que se dura esta chuvia facémonos ricos!
E cando tivo o bandullo ben cheo, subiu durmir.
Aconteceu que un día, mentres dous esbirros da xustiza discutían
por un escudo de ouro que atoparan no chan, chegou Vardiello e dixo:
—Que burriños sodes por pelexar por un chícharo
bravo coma ese, que eu non estimo en nada porque atopei unha ola chea
a tope.
O xuíz, ó saber isto, marabillado, mandouno buscar e preguntoulle
cómo, cándo e con quen atopara aqueles escudos. Ó
que Vardiello respondeu:
—Atopeinos nun palacio, dentro dun home mudo, o día que
choveron pasas e figos secos.
O xuíz, ó oír esta saída de ton, cheirou
o asunto e, como era competencia súa, decretou que fose internado
nun hospital. Deste xeito a ignorancia do fillo fixo rica á nai
e o xuízo da nai remediou as burradas do fillo. Polo cal se ve
claramente que
se hai bo patrón a bordo
o barco non fai mal choio.
Pasatempo 10º da 2ª Xornada: O COMPADRE
Había unha vez un tal Cola Iacovo Aggrancato de Pomigliano,
marido de Masella Cernecchia de Resina, home rico coma o mar, tanto
que non sabía nin canto tiña e nadaba na abundancia. Pese
a todo isto, anque non tiña nin fillos nin apuros e contaba os
cartos por cabazos, se correse cen millas non lle escaparía nin
un pataco do peto, e anque se lle facía penoso, levaba esta vida
de cans para aforrar e atesourar.
Non obstante, cada vez que se sentaba á mesa para manterse con
vida, caíalle enriba unha ruína de compadre que non lle
saía do rabo nin un momento e, como se tivese un reloxo no corpo
e unha clepsidra nos dentes, presentábase sempre ante eles á
hora da manduca, e cunha cara de bronce, pegábaselles de tal
xeito que non o podían despegar nin con auga quente; e tanto
lles contaba os bocados que metían na boca, e tanto dicía
chistes e soltaba chanzas, que acababan dicíndolle se gustas.
Entón, sen facerse moito de rogar, meténdose no medio
e medio do marido e da muller, e coma se estivese ávido, esfameado,
afiado coma unha navalla, encirrado coma un can de presa e cunha fame
de lobo no corpo, cunha carreira que case voaba, nun amén movía
as mans coma se tocase o pínfano, revolvía os ollos coma
un gato bravo e manobraba os dentes coma unha pedra de moer, e engulía
sen mastigar, sen que un bocado agardase polo outro; e cando tiña
ben cheas as fazulas, arrombado o bandullo e a barriga coma un tambor,
e despois de verlle o cu ós pratos e de arramplar con todo, sen
dicir nin adeus, collendo unha xerra e soprándoa, secándoa,
baleirándoa, trincándoa e sorbéndoa toda dunha
fecha ata que lle vía o fondo, liscaba a atende-los seus asuntos,
deixando a Cola Iacovo e a Masella cos fociños dunha cuarta.
E eles, ó ve-la pouca discreción do compadre, que coma
un saco descosido engulía, larpaba, engolfaba, baleiraba, embuchaba,
devoraba, papaba, embaulaba, engulipaba, aproveitaba, chimpaba, repañaba,
lambía, choupaba e arrasaba con canto había na mesa, non
sabían que facer para quitar de enriba aquela sambesuga, aquela
cataplasma, aquela cotra nos calzóns, aquela cura de agosto,
aquela mosca burriqueira, aquel carracho famento, aquel anzol, aquel
quiste, aquel alugueiro, aquela renda perpetua, aquel polbo, aquela
lendia, aquela carga, aquela dor de cabeza; e nunca vían a hora
de comer algunha vez tranquilos sen aquel escudeiro, sen aquela resina
de sobreira.
Tanto que unha mañá, ó saber que o compadre marchara
fóra do país como axudante dun comisario, Cola Iacovo
dixo:
—¡Ai, loado sexa o Sol, que por unha vez en cen anos tocounos
move-las fazulas, soltarlles as bridas ás queixadas e enfilar
algo debaixo do nariz sen ese sarabullo no cu! De xeito que se a Corte
me quere arruinar, ¡eu arruinarme quero! Nesta merda de mundo
só conségue-lo que podes arrincar cos dentes. ¡Axiña,
acende o fogón e, agora que temos un descanso, deámonos
unha boa enchente e saboreemos algunha cousa suculenta e algún
bocado gorentoso!
E, dicindo isto, correu a mercar unha boa anguía de pantano,
dúas libras de fariña fina e unha boa botella de Mangiaguerra
e, ó volver á casa, mentres a muller preparaba toda atarefada
un bo molete, el fritiu a anguía. E cando todo estivo preparado,
sentaron á mesa.
Pero aínda ben non sentaran cando velaí que petou á
porta o escoacaldos do compadre; e ó asomarse Masella e ver ó
estrago da súa alegría, díxolle ó marido:
—¡Cola Iacovo meu, nunca houbo unha libra de carne na carnicería
dos praceres humanos que non tivese o encano do óso do pesadume;
nunca se dorme nas sabas brancas da satisfacción sen algunha
chinche de encordio; nunca se fixo unha bogada de gusto sen que caese
un chuvasco de contrariedade! ¡Velaquí que atragoamos este
amargo bocado, velaquí que se nos atrancou na gorxa esta comida
cagada!
Ó cal, Cola Iacovo respondeu:
—¡Retira as cousas que hai na mesa, lévaas, sácaas
do medio, agóchaas, que non se vexan, e logo abre a porta, que
quizais se atopa o casarío saqueado teña a discreción
de marchar axiña e nos permita enchernos con este pouco veleno!
Mentres o compadre tocaba a rebato e facía repenica-las campás
a gloria, Masella meteu a anguía detrás dun aparador,
a botella debaixo da cama e o molete entre os colchóns, e Cola
Iacovo agochouse debaixo da mesa, asexando por un burato do mantel,
que penduraba ata o chan.
O compadre viu todo este trafego polo burato da pechadura, e cando lle
abriron, con toda a cara, entrou moi espantado e asustado, e ó
preguntarlle Masella que lle acontecera dixo:
—Mentres me fixeches agardar fóra con tanto rebumbio e
tantas deliberacións, esperando a que me viñese abrir
o corvo, pasoume unha serpe entre os pés, ¡ai mimadriña,
que cousa enorme e fea! Pensa que era tan grande coma a anguía
que metiches detrás do aparador. Entón, véndome
amolado e mal parado, tremendo coma un xunco, coa cagarría no
corpo polo medo, retorcéndome polo espanto e tremelicando co
desacougo, levantei unha pedra do chan, coma a botella que está
debaixo da cama e ¡toma! guindeilla na testa, e deixeina feita
un molete como o que está entre os colchóns. E mentres
morría e se retorcía, vin que me ollaba, como fai o compadre
desde debaixo da mesa. ¡Non me chega a camisa ó corpo,
do asustado e aterrorizado que estou!
Non podendo estar calado ante estas palabras, Cola Iacovo, que xa non
podía tragar máis sapos, sacando a cabeza de debaixo do
mantel, coma se Trastullo se asomase á escena , dixo:
—¡Isto xa é o colmo! ¡Agora si que abonda!
¡Xa fixémo-lo pan, xa gañámo-lo preito! Mira,
se che debemos algo ¡acúsanos na Vagliva!, se te prexudicamos
¡denúncianos na Zecca !, se te sentes ofendido ¡responde!,
se tes algún antollo, ¡pon unha lavativa!, se buscas algo,
¡espántanos cun plumeiro ou mete o nariz no cu! ¿Que
maneiras, que xeito de proceder é o teu? ¡Nin que foses
un soldado albergado que vén arramplar con todo o noso! ¡Debíache
abondar cun dedo, e non coller toda a man, que xa só che falta
botarnos desta casa con tanto rebumbio! ¡Quen ten pouca discreción
todo o mundo é seu, pero a quen non se mide mídeno, e
se ti non tés medida, nós temos rolos e bastóns!
Por último, xa sabes que se di a moita cara moita vara, de xeito
que, cada moucho ó seu souto, e déixanos cos nosos problemas.
Se cres que de agora en diante vas continuar con esta música
pérde-lo tempo, porque non vas conseguir nin unha migalla; estrága-lo
adobo, porque non che vai servir para nada; se imaxinas que te vas deitar
sempre sobre mulido, vas dado. ¡Lisca, que marzo arruinoute! ¡Xa
podes ir rillando no escarvadentes, se pensas que esta taberna está
aberta para esa gorxa podre! ¡Pero mira que engoles e enrestras!
¡Esquéceo, sácao da cachola, que é traballo
en balde e cousa de vento, que para ti xa non hai nin esca nin pedernal!
¡Atopaches uns babecos e uns paspáns, avistaches uns merlos,
tenteaches uns asnos, encontraches unha ganga! ¡Pero agora lisca,
vaite, e que non se che ocorra volver; esta casa pódela ir esquecendo
que non vas coller máis auga cos meus caldeiros! E se es un espreitaceas,
un roepáns, un arrasamesas, un varrecociñas, un tombacazolas,
un lustrapratos, un comellón, unha canle de cloaca; se te-la
solitaria, a fame canina, a entrada libre e o bandullo desfondado, que
darías conta dun asno e baleirarías un barco, que enguliría-lo
oso do príncipe, consumiría-lo Santo Graal e non che abondarían
o Tíber e o Arno e comerías a un polos pés, ¡vaite
a outras igrexas, vaite tirar á cloaca, vai recoller refugallos
polos vertedoiros, vai buscar cravos ós ríos, vai recoller
cera ós funerais, vai desatoa-los conductos das latrinas para
encher ese boche, e que esta casa che pareza lume, que cada un ten os
seus problemas, cada un sabe onde lle doe, cada un sabe o que ten no
estómago, que non nos cómpren estas lerias inútiles,
estes clientes ruinosos, estas lanzas partidas! Cada un que se zafe.
¡Hai que destetarte, paxaro langrán, inútil, nugallán!
¡Traballa, carallo; aprende un oficio, busca un patrón!
O desgraciado do compadre ó oír este repertorio, esta
chaga rebentada, esta cardadura sen peite, teso e frío coma un
ladrón collido no allo, coma un peregrino que extraviase o camiño,
coma un mariñeiro que rompese a chalana, coma unha puta que perdese
o cliente, coma unha nena que emporcallase a cama, coa lingua entre
os dentes, a cabeza abaixada, o queixo afundido no peito, os ollos húmidos,
o nariz amorriñado, os dentes fríos, as mans baleiras,
o corazón encollido, o rabo entre as pernas, caladiño
coma un peto, sen dicir nin pío, a modiño, de vagar, en
silencio e mudo, colleu os seus trebellos e ó que marchaba sen
vira-la cabeza veulle á memoria aquela estimable sentencia:
O que vai á voda sen ser chamado
volve dela avergonzado.