Voltar

Karel Capek

Crime nunha casa labrega

Versión galega de Jana Vavrinova

 

(Da colección de contos Os contos dun peto)

-Levántese, acusado -dixo o xuíz-. Vexamos, a acusación cúlpao do asasinato do seu sogro Frantisek Lebeda, durante a pescuda confesou que lle batera cunha machada tres veces na cabeza coa intención de matalo. Diga, ¿séntese culpable?

Un homiño derreado estremeceuse e tragou saliva.

-Non -saíu del con dificultade.

-¿Matouno?

-Si.

-¿Daquela séntese culpable?

-Non.

O xuíz tiña a paciencia dun santo.

-Mire,Vondrácek -dixo-, é que saíu á luz que xa quixo envelenalo unha vez; déralle un matarratos. ¿Non é?

-É.

-Vese ben por iso que xa dende hai tempo estaba sedento do seu sangue. ¿Estamos?

O homiño sorbeu os mocos e alzou os ombros con desconcerto.

-Iso foi polo do trevo -tatexou-. El vendeu o trevo, e eu dicíalle: sogro, deixe o trevo, eu mercarei coellos.

-Espere -interrompeuno o xuíz-. ¿O trevo era del ou de vostede?

-Del -murmurou o acusado-. Pro, ¿pra que quere el o trevo? E eu dicíalle: sogro, déixeme polo menos o campo onde ten a alfalfa; pro el di: cando morra, entón pasará a ser de Marka, digo, da miña muller, e daquela podes facer con el o que che pete.

-¿Por iso quixo envelenalo?

-Pois si.

-¿Por lle rifar?

-Non. Iso foi polo do campo. El dixo que ía vende-lo campo.

-Pero home -retrucou o xuíz-, se o campo era del, ¿non si? ¿Por que non había poder vendelo?

O acusado Vondrácek mirou para o xuíz en ton de reproche.

-É que eu teño a carón do campo unha leiriña de patacas -explicou-. Merqueina pra xuntala un día co campo, e el dixo: impórtame un pemento a túa leiriña, eu véndollo a Joudal.

-Daquela vivían en desavinza -axudáballe o xuíz.

-Pois si -dixo Vondrácek co cello engurrado-. Iso foi polo da cabra.

-¿Por que cabra?

-El munxíulleme a cabra. Eu dicíalle: sogro, deixe a cabra ou déano-lo pradiño do regato. Mais el alugouno.

-¿E que facía co diñeiro? -preguntou un dos membros do xurado.

-¿E que ía facer? -dixo o acusado, con tristeza-. Gardouno nun baúl. Cando morra, dicía, vai ser voso. Pro o que é morrer, morrer, el non quería. Se xa lle pasaba dos setenta.

-¿Entón di que o culpable das desavinzas foi o seu sogro?

-Foino, si -opinou Vondracek vacilando-. El non quería dar nada. Namentres estea vivo, acostumaba dicir, goberno a casa eu, e xa está. E eu dicíalle: sogro, se merca unha vaca, eu árolle o campo e non ten que vendelo. Pero el respondeu: namentres eu non morra podes mercar dúas vacas se queres, pro eu a miña leira véndolla a Joudal.

-¡Escoite, Vondrácek! -exclamou o xuíz, con severidade-, ¿non o mataría polos cartos do baúl?

-Eses eran prá vaca, -teimaba Vondracek-. Contabamos con iso, cando el morrese habiamos merca-la vaca. Semellante casa de labranza non pode estar sen vaca, iso está ben claro. ¿De onde ía coller eu o esterco?

-Acusado -interrompeuno o fiscal-, a nós non nos importa a vaca, senón unha vida humana. ¿Por que matou ó seu sogro?

-Iso foi polo do campo.

-¡Iso non é unha resposta!

-El quixo vende-lo campo...

-¡Pero se, de tódolos xeitos, o diñeiro despois da súa morte quedaríalles a vostedes!

-Si, pro el non quería morrer -retrucou Vodrácek con indignación-. Excelencia, se morrese polas boas... eu nunca lle fixen mal ningún. Iso pódeo testemuñar toda a vila, eu tíñao coma a meu pai, ¿non é? -dixo, dirixíndose ó publico.

O auditorio, onde se reunira a metade da vila, murmurou conforme.

-Si -fíxose oí-lo o xuíz, con seriedade-. ¿E por iso quixo envelenalo, non si?

-Envelenalo -rosmou o acusado-. É que non debeu de vende-la alfalfa. Excelencia, todo o mundo lle confirmará que a alfalfa debe quedar na casa. Ese non é xeito de administrar unha casa, ¿ou si?

O auditorio rosmou en sinal de conformidade.

-Diríxase a min, acusado -berrou o xuíz-. Ou fago que saian os seus veciños. Díganos como ocorreu o asasinato.

-Pois -comezou Vondrácek con perplexidade-, iso foi o domingo e eu vino falando outra vez con ese Joudal. Sogro, díxenlle, non lle me pode vende-lo campo. Pro el dixo: xa ves, e ti vas ser quen pra preguntarche eu nada, paspán. Entón decidín que xa era hora, sabedes, e fun pica-la leña.

-¿Foi con esta machada?

-Foi con esa, si.

-¡Prosiga!

-Á noitiña dígolle á miña muller: vai e leva os nenos onda a tía. Ela de seguida rompeu a chorar. Non chores, dígolle, antes aínda hei falar con el. E el despois veu ó alpendre e dixo: esa machada é miña, ¡trae pra aquí! E eu díxenlle que el me munxira a cabra. Logo el quixo arrebatarme a machada. Entón pegueille un machadazo.

-¿Por que?

-Iso foi polo do campo.

-¿E por que lle deu tres veces?

Vondrácek alzou os ombros.

-As cousas sonlle así, Excelencia; os deiquí estamos afeitos ó traballo duro.

-¿E logo?

-Logo fun prá cama.

-¿Durmiu?

-Non. Pensaba cánto me custaría a vaca, e que había cambia-lo prado polo cachiño de a carón do camiño. Deste xeito, tereino todo xunto.

-E remordementos, ¿non tivo?

-Non. A min remordíame que os campos non os teño xuntos. E logo hai que repara-la corte prá vaca, iso tamén vai custar unha chea de cartos. É que el xa nin sequera tiña o carro. Eu dicíalle: sogro, que Deus lle perdoe os pecados, pro isto non é unha granxa como é debido. Os dous campos cómpre que estean un a carón do outro, iso séntese no sangue.

-¿E non sentiu nada por unha persoa vella? -arrepúxoselle o xuíz-.

-Pro é que el quixo venderlle a leiriña a Joudal -tatexaba o acusado-.

-¡Entón vostede asasinou por cobiza!

-Iso non é verdade -defendeuse Vondrácek con paixón-. ¡Iso foi polo do campo! De se xuntaren os campos...

-¿Séntese culpable?

-Non.

-Asasinar a un home vello, ¿non significa nada para vostede?

-Pro xa lle digo que foi polo do campo -rebentou Vodrácek, case a saloucar-. ¡Se iso non lle é asasinato ningún! ¡Santo Deus, iso teno que entender calquera! ¡Excelencia, se todo quedou na familia! A un estraño non llo faría... Eu nunca roubei nada... pregunte por Vondrácek... e eles pescáronme coma un ladrón, coma un ladrón -laiábase Vondrácek afogado en compaixón.

-Non, como parricida -dixo o xuíz, con tristeza-. ¿Sabe, Vondrácek, que para iso hai pena de morte?

Vondrácek estaba a moquear e a sorbe-los mocos.

-Iso foi polo do campo -dixo, resignadamente.

Logo, o xuízo seguiu prolongándose aínda máis: testemuñas, avogados...

*

Mentres o xurado foi deliberar sobre a culpabilidade do acusado Vondrácek, o xuíz miraba pola fiestra do despacho pensando nas verzas.

-No fondo foi frouxo -rumiu o secretario-. Nin o fiscal puxo moito empeño, nin o avogado dixo moita cousa... A fin de contas, un caso claro, non hai máis que falar.

O xuíz refungou.

-Un caso claro, -dixo cun sorriso apesarado-. Escoite, compañeiro, o home séntese no seu dereito tanto coma vostede ou coma min. Paréceme como se tivese que xulgar a un carniceiro por mata-la vaca ou a unha toupa por face-las toupiñeiras. Home, nalgúns momentos estaba a sentir coma se non fose un asunto noso, entende, cuestión de dereito ou de lei. ¡Puf! -desafogou e tirou a toga-. Isto vai acabar comigo. Teño que descansar un bocadiño. Sabe, eu penso que o xurado o vai poñer en liberdade; non ten sentido, pero quizais o poña en liberdade, é que... Voulle dicir unha cousa: eu son de sangue labrego; e cando o home estaba a dicir que cómpre que os campos estean xuntos, pois... vía dúas leiras, estaba a sentir que se tivesemos que xulgar... entende, segundo unha lei de Deus... que teriamos que xulga-los dous campos. ¿Sabe que é o que máis me gustaría facer? O que máis me gustaría facer sería poñerme de pé, quita-lo barrete e dicir: Acusado Vondrácek, no nome de Deus, xa que o sangue vertido clama ó ceo, sementara-los dous campos con toxo, con toxo e silveira, e ata o día da túa morte terás á vista o campo infértil da xenreira... Gustaríame saber qué lle parecería ó fiscal. Compañeiro, ás veces debería xulgar Deus; sabe, El podería inflixir castigos de semellante espanto e magnitude: xulgar no nome de Deus; pero niso nós non pinchamos nin cortamos. ¿Que?, ¿o xurado xa se puxo de acordo?

O xuíz puxo a toga suspirando apesarado.

-¡Pois veña! ¡Fagan entra-lo xurado!

 

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2001
© da tradución Jana Vavrinova, 2001