Voltar

Guy de Maupassant

Contos

Versión galega de Emma Lázare Rodríguez

 

Mademoiselle Fifi

 

 

O tenente coronel, conde de Farlsberg, comandante prusiano, remataba de le-lo seu correo, apoltronado nunha gran butaca de tapicería e cos pés, calzados cunhas botas, sobre o elegante mármore da cheminea, onde as esporas trazaran dous sucos profundos, un pouco máis marcados cada día, durante os tres meses que levaba ocupando o castelo de Uville.

Unha cunca de café fumegaba sobre un velador de marquetería maculado polos licores, queimado polos cigarros, raiado polo canivete do oficial conquistador que, ás veces, ó terminar de afia-lo lapis, trazaba sobre o gracioso moble cifras ou debuxos, segundo a fantasía da súa imaxinación indolente.

Cando rematou de le-las cartas e de botar unha ollada ós xornais alemáns que o cabo carteiro lle acababa de traer, levantouse e, despois de deitar no lume tres ou catro enormes achas de leña verde, pois aqueles señores cortaban pouco a pouco o parque para quentarse, achegouse á ventá.

A choiva caía a canados, unha choiva normanda que parecía lanzada por unha man furiosa, choiva nesgada, mesta coma unha cortina, formando unha sorte de parede a raias oblicuas, choiva que xostreaba, salpicaba, afogaba todo, unha auténtica choiva dos arredores de Ruán, ese ouriñal de Francia.

O oficial contemplou un bo anaco o céspede anegado e, alá abaixo, o Andelle inchado que se desbordaba; e tamborilaba contra o cristal un valse do Rin, cando un ruído o fixo volverse: era o seu segundo, o barón de Kelweingstein, que tiña o grao equivalente ó de capitán.

O tenente coronel era un xigante, ancho de ombros, provisto duna longa barba en abano que formaba un mantel sobre o seu peito; e toda a súa alta persoa solemne espertaba a idea dun pavón militar, un pavón que levase a súa cola despregada no queixelo. Tiña uns ollos azuis, fríos e doces, unha meixela fendida dunha sabrada na guerra de Austria e dicíase del que era tan bo home coma bo oficial.

O capitán, baixo, coloradote, de gran bandullo cinguido á forza, levaba case rapada a súa barba ardente, os fíos de lume da cal, cando se atopaban baixo certos reflexos, podían facer cre-la súa cara refregada con fósforo. Dous dentes perdidos nunha noite de xolda, sen que el se lembrase exactamente cómo, facían que cuspise unhas palabras pastosas que non sempre se entendían; e estaba calvo só do cumio do cranio, tonsurado coma un frade, cunhas guedellas de peliños rizados, dourados e lustrosos, arredor daquel cerco de carne espida.

O comandante apertoulle a man e tomou dun golpe a súa cunca de café (a sexta desde a mañá), mentres escoitaba o informe do seu subordinado sobre os incidentes acaecidos no servicio; logo achegáronse ámbolos dous de novo á ventá declarando que o panorama non era moi ledo. O tenente coronel, home tranquilo, casado no seu país, acomodábase a todo; pero o barón capitán, tenaz vividor, amante dos tugurios, furibundo libertino, rabiaba de estar pechado desde había tres meses na obrigada castidade daquel posto perdido.

Como petaran á porta, o comandante deu o seu permiso para entrar e un home, un dos seus soldados autómatas, apareceu no limiar, anunciando coa súa soa presencia que o xantar estaba listo.

Na sala atoparon os outros tres oficiais de menor graduación: un tenente, Otto de Grossling; dous subtenentes, Fritz Scheunaubourg e o marqués Wilhem d’Eyrik, un pequeniño louro orgulloso e brutal cos homes, duro cos vencidos e violento coma unha arma de fogo.

Desde que entrara en Francia, os seus camaradas só lle chamaban mademoiselle Fifi. Este alcume víñalle do seu talante coqueto, do seu van fino que parecía suxeito nun xustillo, da súa cara pálida na que o bigote nacente a penas se notaba e tamén polo costume que adoptara, para expresa-lo seu soberano desprezo polos seres e polas cousas, de empregar en todo momento a locución francesa – fi, fi, donc, que pronunciaba cun lixeiro asubío.

O comedor do castelo de Uville era unha sala longa e rexia con espellos de cristal antigo, crebados polas balas, con altos tapices de Flandres, crebados a sabradas e colgando por algunhas partes, que falaban das ocupacións de mademoiselle Fifi nas súas horas de ocio.

Nas paredes, tres retratos de familia, un guerreiro con armadura, un cardeal e un presidente, fumaban longas pipas de porcelana, mentres que no seu marco desdourado polos anos, unha nobre dama co peito apertado mostraba con aire arrogante un enorme par de bigotes feitos a carbón.

E o xantar dos oficiais transcorreu case en silencio naquela estancia mutilada, escurecida pola chuvieira, desoladora polo seu aspecto vencido e da que o vello parqué de carballo se tornara sórdido coma o piso dunha taberna.

Á hora do tabaco, cando comezaron a beber, ó remate da comida, puxéronse a falar do seu aburrimento, igual ca todos os días. As botellas de coñac e de licores pasaban de man en man; e todos, estomballados nas cadeiras, sorbían a groliños repetidos, mantendo nun canto da boca a longa boquilla curvada que remataba no ovo de porcelana, moi repintado como para seducir hotentotes.

Ó que a copa quedaba baleira, volvíana encher cun xesto de cansazo resignado. Pero mademoiselle Fifi, a cada vez, rompía a súa e un soldado presentáballe inmediatamente outra.

Unha nube de fume acre afogábaos e parecían afundirse nunha borracheira somnolenta e tristona, nesa embriaguez taciturna da xente que non teñen nada que facer.

Pero, de súpeto, o barón ergueuse. Impulsado por unha rebeldía, xurou:

—¡Maldita sexa!, isto non pode seguir así, cómpre inventar algo dunha vez.

O tenente Otto e o subtenente Fritz, dous alemáns dotados de fisionomías eminentemente alemanas pesadas e graves responderon ó mesmo tempo:

—¿O que, meu capitán?

El reflexionou uns segundos, despois replicou:

—¿O que? Pois, hai que organizar unha festa, se o comandante o permite.

O tenente coronel sacou a pipa da boca:

—¿Que festa, capitán?

O barón aproximouse:

—Eu encárgome de todo, meu comandante. Enviarei ata Ruán ó Deber, que nos traerá unhas damas; sei ónde ir por elas. Prepararémo-la cea aquí; non falta de nada, por certo, e, polo menos, pasaremos unha boa velada.

O conde de Farlsberg alzou os ombros mentres sorría:

—Vostede está tolo, amigo meu.

Pero tódolos oficiais se ergueran, rodeaban ó xefe suplicándolle:

—Deixe ó capitán, meu comandante, ¡isto é tan tristeiro!

Por fin o tenente coronel cedeu:

—¡De acordo! –dixo.

E inmediatamente o barón mandou chamar ó Deber. Este era un vello suboficial ó que nunca se vira rir, pero que cumpría fanaticamente tódalas ordes dos seus xefes, fosen as que fosen.

De pé, co seu rostro impasible, recibiu as instruccións do barón; despois saíu; e, cinco minutos máis tarde, unha gran carruaxe militar, cuberta cun toldo de muiñeiro tensado coma unha tenda, saía a todo correr baixo unha choiva asañada, tirado por catro cabalos ó galope.

De seguida, un movemento reanimador pareceu percorre-los espíritos; as posturas lánguidas endereitáronse, as caras animáronse e puxéronse a parolar.

Aínda que a chuvieira continuase coa mesma furia, o tenente coronel afirmou que había menos escuridade e o tenente Otto anunciaba con convicción que o ceo ía despexar. A mesma Mademoiselle Fifi parecía non ter acougo. Levantábase, volvía sentar. O seu ollo, claro e duro, buscaba algo que romper. De pronto, fitando a dama dos bigotes, o pequeno louro sacou o revólver.

—Ti non o has ver –dixo.

E, sen abandona-lo asento, apuntou. Dúas balas rebentaron sucesivamente os dous ollos do retrato.

Despois exclamou:

—¡Fagámo-la mina!

E bruscamente tódalas conversas se interromperon coma se un interese poderoso e novo se tivese apoderado de todo o mundo.

A mina era o seu invento, a súa maneira de destruír, a súa diversión preferida.

Ó deixa-lo seu castelo, o lexítimo propietario, o conde Fernand d’Amoys d’Uville, non tivera tempo de levar nada nin de esconder nada, salvo a prata introducida no oco dunha parede. Agora ben, como era moi rico e magnificente, o seu gran salón, a porta do cal daba ó comedor, presentaba, antes da fuga precipitada do amo, o aspecto dunha galería de museo.

Das paredes pendían cadros, debuxos e acuarelas de prezo, mentres que sobre os mobles, nos andeis e nas elegantes vitrinas, mil figuras, floreiros, estatuíñas, bonecos de Saxonia e monicreques de China, marfís antigos e cristais de Venecia poboaban o vasto apousento coa súa profusión preciosa e rara.

Agora xa case non quedaba nada. Non porque fosen saqueados, o tenente coronel, conde de Farlsberg non o tería permitido; pero mademoiselle Fifi, de cando en vez, facía a mina; e, aquel día, tódolos oficiais se divertían de veras durante cinco minutos.

O marquesiño foi buscar ó salón o que necesitaba. Trouxo unha linda teteira de China familia Rosa, que encheu de pólvora de canón, e polo bico introduciu delicadamente unha longa mecha, prendeuna e correu a levar outra vez aquela máquina infernal ó apousento contiguo.

Despois regresou rápido e pechou a porta. Tódolos alemáns agardaban, de pé, cunha cara risoña de curiosidade infantil; e en canto a explosión sacudiu o castelo aló se precipitaron todos xuntos.

Mademoiselle Fifi que entrara diante, batía as palmas con delirio ante unha Venus de terracota á que por fin lle saltara a cabeza; e todos recolleron anacos de porcelana admirándose dos recortes estraños dalgúns cascotes, examinando os novos danos, discutindo se certos estragos non foran producidos pola explosión precedente; e o tenente coronel observaba cun aire paternal o amplo salón revolto por aquela metralla ó Nerón e estrado de restos de obxectos artísticos. Saíu de alí diante dos outros declarando con bonhomía:

—Desta vez, si que saíu ben.

Pero no comedor entrara tal tromba de fume que, mesturado co do tabaco, non se podía nin respirar. O comandante abriu a ventá e tódolos oficiais, que viñeran beber unha última copa de coñac, aproximáronse.

O aire húmido precipitouse na estancia, traendo unha especie de po de auga que empoeiraba as barbas e un cheiro a inundación. Contemplaban as grandes árbores atormentadas pola arroiada, o ancho val brumoso con aquel derreamento de nubes sombrías e baixas e, ó lonxe, o campanario dunha igrexa que se alzaba coma unha punta gris no medio do ballón.

Desde a súa chegada non volvera repicar. Polo demais, era a única resistencia que atoparan os invasores por aqueles contornos: a do campanario. O cura non se negara en modo ningún a recibir e a alimentar soldados prusianos; incluso aceptara varias veces tomar unha botella de cervexa ou de bordeos co comandante inimigo, que o utilizaba a miúdo como benévolo intermediario; pero non lle había que pedir nin o máis mínimo toque de campá; antes se deixaría fusilar. Era a súa maneira de protestar contra a invasión, protesta pacífica, protesta do silencio, a única, segundo dicía, que conviña a un sacerdote, home de dozura e non de sangue; e todo o mundo, en dez leguas á redonda, chufaba a firmeza, o heroísmo do abade Chantavoine, que ousaba afirma-lo dó público, proclamalo, co mutismo obstinado da súa igrexa.

O pobo enteiro, entusiasmado por esta resistencia, estaba disposto a soster ata a fin o seu pastor, a desafiar a todos, considerando esta protesta tácita como a salvagarda do honor nacional. Ós paisanos semelláballes que eles mereceran mellor a patria que Belfort e que Estrasburgo1, que eles deran un exemplo equivalente, e que o nome da aldea, por esta razón, había facerse inmortal; e, á parte diso, non lles negaban nada ós prusianos vencedores.

O comandante e mailos seus oficiais rían xuntos daquel valor inofensivo; e, como a rexión enteira se mostraba obsequiosa e flexible con respecto a eles, toleraban gustosos o seu patriotismo mudo.

Só ó marquesiño Wilhem lle había gustar ben forza-la campá a soar. Adoecía por mor da condescendencia política do seu superior co cura: e tódolos días lle suplicaba ó comandante que lle deixase facer "Din-don-don" unha vez, unha vez soíña, só para rir un pouco. E pedíallo con gracias de gata, con solermas de muller, con dozura de voz de amante trastornada por un capricho; pero o comandante non cedía, e mademoiselle Fifi, para se consolar, facía a mina no castelo de Uville.

Os cinco homes permaneceron alí, amoreados, algúns minutos, aspirando a humidade. Por fin, o tenente Fritz pronunciou estas palabras botando un riso pastoso:

—A vegdade é que ezaz zeñoguitaz non teñen moi po tempo paga o zeu pazeo.

Nisto separáronse, cada cal foi para o seu servicio e o capitán tiña moito que facer cos preparativos da cea.

Cando se encontraron de novo, á caída da tarde, botaron a rir ó verse todos acicalados e relucentes coma nos días de revista xeral, untados de brillantina, perfumados, aseados. O cabelo do comandante semellaba menos gris que pola mañá; e o capitán barbeárase, deixando só o bigote, que semellaba unha chama baixo o nariz.

A pesar da choiva deixaron a ventá aberta; e, de vez en cando, un deles ía escoitar. Ás seis e dez, o barón sinalou o distante rodar dunha carruaxe. Todos se precipitaron; e pronto apareceu o gran coche, cos seus catro cabalos sempre ó galope, enlamados ata as ancas, fumegando e refolgando.

E descenderon cinco mulleres ante a escalinata, cinco fermosas mozas escollidas con esmero por un camarada do capitán a quen o Deber lle fora levar unha carta do seu oficial.

Non se fixeran rogar moito, estaban seguras de ser ben pagas, por outra banda levaban tres meses tratando cos prusianos e coñecíanos ben, conformábanse tanto cos homes coma coas circunstancias. "Son cousas do oficio", comentaban polo camiño, sen dúbida para responder a un prurito secreto dun resto de conciencia.

E de contado entraron no comedor. Este, iluminado, semellaba máis lúgubre aínda no seu lamentable deterioro; e a mesa cuberta de viandas, coa rica vaixela e coa prata atopada na parede onde a escondera o dono, dáballe a aquel lugar un aspecto de taberna de bandidos que cean despois dalgún saqueo. O capitán, radiante, apoderouse das mulleres coma dunha cousa familiar, xulgábaas, bicábaas, ulíaas, taxando o seu valor como mozas de pracer; e como os tres mozos querían coller cada un a súa, opúxose con autoridade, reservando para si face-lo reparto, en toda xustiza, segundo a graduación, para non ferir en nada a xerarquía.

Entón, co fin de evitar toda discusión, toda protesta e toda sospeita de parcialidade, aliñounas por orde de estatura e, dirixíndose á máis alta, co ton dunha orde, díxolle:

—¿O teu nome?

Ela respondeu coa voz oca:

—Pamela.

Entón el proclamou:

—Número un, a chamada Pamela, adxudicada ó comandante.

Bicando a continuación a Blondine, a segunda, en sinal de propiedade, ofreceulle ó tenente Otto a grosa Amanda, Eva A Tomate ó subtenente Fritz e a máis pequena de todas, Rachel, unha morena moi nova, cos ollos negros coma manchas de tinta, unha xudía co nariz respigón que confirmaba a regra que atribúe os picos curvos a toda a súa raza, ó máis novo dos oficiais, o fráxil marqués Wilhem d’Eyrik.

Todas, desde logo, eran bonitas e gordiñas, sen fisionomías moi distintas, moi semellantes de faccións e de pel pola práctica cotiá do amor e a convivencia das casas públicas.

Os tres mozos pretenderon levar ó instante as súas mulleres co pretexto de lles dar cepillos e xabón para se lavaren, pero o capitán opúxose a isto prudentemente, afirmando que estaban bastante limpas para sentar á mesa e que os que subisen habían querer cambiar cando baixasen e incomodarían ás outras parellas. A súa experiencia gañou. Soamente houbo moitos bicos, bicos de espera.

De pronto, Rachel sufocouse, chorando coa tose, e botando fume polo nariz. O marqués, coa desculpa de a bicar, botáralle na boca o fume do tabaco. Ela non se enfadou, non dixo unha palabra, pero fitou ó seu propietario coa cólera acendida no fondo dos seus ollos negros.

Sentaron. O propio comandante parecía encantado; puxo á súa dereita a Pamela, Blondine á esquerda, e declarou, despregando o pano de mesa:

—Tivo vostede unha idea encantadora, capitán.

Os tenentes Otto e Fritz, correctos coma na compaña de mulleres da boa sociedade, intimidaban un pouco ás súas veciñas; pero o barón de Kelweingstein, abandonado ó seu vicio, resplandecía, soltaba palabras pícaras, parecía arder coa súa coroa de cabelos vermellos. Galanteaba en francés do Rin; e os seus cumpridos de taberna, expectorados polo burato dos dous dentes partidos, chegábanlles ás mozas entre unha metralla de saliva.

Elas non entendían nada, polo demais; e a súa intelixencia non pareceu espertar máis que cando el cuspiu palabras obscenas, expresións crúas, eivadas polo seu acento. Entón todas xuntas romperon a rir coma tolas, caendo sobre o ventre dos seus veciños, mentres repetían os termos que o barón se puxo, entón, a desfigurar a pracer para lles facer dicir porcalladas. Elas vomitábanas a esgalla, borrachas desde as primeiras botellas de viño; e, volvendo ó seu ser, deron libre curso ós seus costumes, bicaban os bigotes da dereita e os da esquerda, beliscaban brazos, lanzaban berros furiosos, bebían de tódolos vasos, cantaban coplas francesas e anacos de cancións alemanas que aprenderan nas súas relacións cotiás co inimigo.

Pronto os homes mesmos, embriagados por aquela carne feminina despregada ante os seus narices e ó alcance das súas mans, tolearon, berraban, rompían a vaixela, mentres que por detrás uns soldados impasibles os servían.

Só o comandante gardaba a compostura.

Mademoiselle Fifi sentara a Rachel nos seus xeonllos e, animándose en frío, quer lle bicaba con paixón os rizos de ébano do colo, aspirando polo estreito espacio entre o vestido e a pel o doce calor do seu corpo e todo o aroma da súa persoa, quer a beliscaba con furia a través da tea, facéndoa berrar, presa dunha ferocidade rabiosa, impulsado polo seu desexo de devastación. Ás veces tamén, apertándoa cos brazos coma para fundila consigo mesmo, apoiaba longamente os beizos na boca fresca da xudía, bicábaa ata quedar sen alento; pero de súpeto mordeuna con tal forza que un fío de sangue baixou polo queixelo da moza e caeulle no corpiño.

Unha vez máis, ela mirouno ben de fronte e, limpando a ferida, murmurou :

—Isto págase.

El botou a rir, cun riso duro, e dixo:

—Pagarei.

Chegaron á sobremesa; servíase o champaña. O comandante levantouse e, co mesmo ton que empregaría para brindar pola emperatriz Augusta, bebeu:

—¡Á saúde das nosas damas! –dixo. E comezou unha serie de brindes, brindes dunha galantería de soldadotes e de borrachóns, mesturados con bromas obscenas que parecían máis brutais aínda pola ignorancia da lingua.

Levantábanse, un detrás doutro, buscando algo enxeñoso, esforzándose por ser graciosos; e as mulleres borrachas perdidas, cos ollos idos, os labios pastosos, aplaudían entusiasticamente a cada vez.

O capitán, querendo, sen dúbida, darlle á orxía un aire galante, levantou unha vez máis a súa copa e dixo:

—¡Polas nosas victorias sobre os corazóns!

Entón o tenente Otto, especie de oso da Selva Negra, alzouse, inflamado, saturado de bebida. E bruscamente invadido de patriotismo alcohólico, berrou:

—¡Polas nosas victorias sobre Francia!

Malia estaren todas borrachas, as mulleres calaron; e Rachel, estremecéndose, revirouse e dixo:

—¿Sabes?, coñezo franceses diante dos que ti non dirías iso.

Pero o marquesiño, que a seguía tendo nos xeonllos, botou a rir, moi ledo polo viño:

—¡Ha, ha! Eu nunca os vin. ¡En canto pasamos, liscan!

A moza, exasperada, berroulle á cara:

—¡Mentes, porco!

Durante un segundo, fitouna cos seus ollos claros, como fitaba os cadros que escachaba co revólver, despois botou a rir:

—¡Ah!, si, ¡falemos diso, preciosa! ¿Estariamos aquí se eles fosen valentes?

E afervoábase:

—¡Sómo-los seus amos!, ¡Francia é nosa!

A moza saltou dos seus xeonllos cun impulso e caeu na súa cadeira. El ergueuse, alzou a copa ata o centro da mesa e repetiu:

—¡Francia é nosa! ¡E os franceses, os bosques, os campos, e as casas de Francia!

Os outros, completamente borrachos, sacudidos de pronto por un entusiasmo militar, un entusiasmo animal, colleron as copas vociferando:

—¡Viva Prusia!

E baleiráronas dun golpe.

As mozas non protestaban, reducidas ó silencio e atenazadas polo medo. A mesma Rachel calaba, impotente para responder.

Entón o pequeno marqués pousou sobre a cabeza da xudía a súa copa de champaña chea de novo:

—¡Nosas tamén –berrou– tódalas mulleres de Francia!

Ela levantouse tan rápida que o cristal, volteado, verteu, coma nun bautismo, o viño amarelo polos seus cabelos negros, e caeu, crebándose no chan. Con labios trémulos, desafiaba coa mirada ó oficial que seguía a rir, e balbuciu, cunha voz afogada pola cólera:

—Iso... iso si que non é verdade, veña, vós non teréde-las mulleres de Francia.

El sentou para rir a gusto, e arremedando o acento parisiense, dixo:

—Eza zi que é poa, pen poa, ¿e logo que véz faceg aquí, pequena?

Desconcertada, inicialmente calou, comprendendo mal na súa axitación, logo des que colleu ben o sentido do que el dicía, botoulle á cara, indignada e vehemente:

—¡Eu!, ¡eu! Eu non son unha muller, eu son unha puta; é abondo para os prusianos.

Inda non acabara de falar e xa a estaba el losqueando con furia; pero segundo levantaba outra vez a man, ela, tola de rabia, colleu un pequeno coitelo de sobremesa coa folla de prata e, tan bruscamente que non se viu nada ó principio, pinchouno no colo, xusto no oco onde arranca o peito.

A palabra que el comezaba cortóuselle na gorxa; e quedou boca aberta, cunha mirada estarrecedora.

Lanzaron todos un ruxido, e levantáronse en tumulto; pero tirándolle a súa cadeira ás pernas ó tenente Otto, que se derrubou tan longo era, Rachel correu á ventá, abriuna antes de que a puidesen alcanzar e tirouse á noite, baixo a choiva que seguía a caer.

En dous minutos, mademoiselle Fifi morreu. Entón Fritz e Otto desenvaiñaron os sabres e quixeron mata-las mulleres, que se arrastraban ante os seus xeonllos. O tenente coronel, non sen dificultade, impediu aquela carnicería, mandou encerrar nun cuarto, gardado por dous homes, as catro desgraciadas; despois, coma se dispuxese os seus homes para un combate, organizou a persecución da fuxitiva, seguro de atrapala.

Cincuenta homes, aguilloados con ameazas, foron lanzados ó parque. Outros douscentos rexistraron os bosques e tódalas casas do val.

A mesa, recollida nun instante, servía agora de leito mortuorio, e os catro oficiais, ríxidos, agora sobrios, co rostro duro dos homes de guerra en funcións, permanecían de pé preto das ventás, escudriñando a noite.

A chuvia torrencial continuaba. Unha batuxada continua enchía as tebras, un murmurio flotante de auga que cae e de auga que corre, de auga que pinga e de auga que xorde.

De súpeto, resoou un disparo, despois outro moi lonxe; e, durante catro horas, oíronse así, de cando en cando, detonacións próximas ou afastadas e berros co contrasinal, palabras estrañas lanzadas como chamada por voces guturais.

Pola mañá, todo o mundo regresou. Dous soldados resultaran mortos e outros tres feridos polos seus camaradas no ardor da cacería e na confusión daquela persecución nocturna.

Non atoparan a Rachel.

Entón os habitantes foron aterrorizados, as vivendas revolucionadas, toda a comarca foi percorrida, batida, revolta. A xudía parecía que non deixara pegadas do seu paso.

Avisado, o xeneral ordenou botar terra ó asunto, para non dar mal exemplo no exército, e impúxolle un castigo disciplinario ó comandante, o cal castigou os seus inferiores. O xeneral dixera:

—Non se fai a guerra para se divertir e acariña-las mozas públicas.

E o conde de Farlsberg, exasperado, resolveu vingarse sobre o país.

Como necesitaba un pretexto para xustifica-lo castigo, mandou vi-lo cura e ordenoulle que tocase a campá no enterro do marqués d’Eyrik.

Contra toda expectativa, o cura mostrouse dócil, humilde, cheo de atencións. E cando o corpo de mademoiselle Fifi, portado polos soldados que marchaban co fusil cargado, abandonou o castelo de Uville, cara ó cemiterio, a campá tocou as súas badaladas fúnebres cun aire alegre, coma se unha man amiga a acariciase.

Tangueu pola noite outra vez, e ó día seguinte tamén, e tódolos días. Ás veces mesmo de noite poñíase ela soa en marcha, e daba suavemente dous ou tres toques na escuridade, presa de singulares ledicias, espertada non se sabe por quen. Tódolos paisanos do lugar dixeron entón que estaba enfeitizada; e ninguén, salvo o cura e o sancristán, se aproximaba ó campanario.

Era que unha pobre moza vivía alí arriba, na angustia e na soidade, alimentada ás agachadas por aqueles dous homes.

Alí permaneceu ata a partida das tropas alemanas. Logo, unha tarde, o cura pediulle prestada a carreta ó panadeiro e levou el mesmo a súa prisioneira ata as portas de Ruán. Chegados aló, o cura bicouna; ela descendeu e alcanzou rapidamente a casa pública, créndoa a súa patroa morta.

De alí sacouna algún tempo máis tarde un patriota sen prexuízos que a amou pola súa fermosa acción, despois quíxoa por si mesma, casou con ela e fíxoa unha Señora que vale tanto coma moitas outras.

 

 

 

 

A señora Baptiste

 

 

 

Cando entrei na sala de espera da estación de Loubain, a miña primeira ollada foi para o reloxo. Tiña que agardar dúas horas e dez minutos polo expreso de París.

De súpeto, sentinme canso coma tras dez leguas a pé; logo mirei arredor de min coma se fose descubrir nas paredes un medio de mata-lo tempo; despois volvín saír e parei diante da porta da estación, coa mente ocupada en idear algo que facer.

A rúa, especie de bulevar plantado de acacias cativas, entre dúas reas de casas asimétricas e diferentes, casas de pequena vila, subía a unha especie de outeiro; e no remate distinguíanse unhas árbores coma se concluíse nun parque.

De vez en cando un gato atravesaba a calzada, saltando os regos de maneira delicada. Un cadelo apurado olfacteaba o pé de tódalas árbores, buscando restos de comida. Non albiscaba home ningún.

Invadiume un melancólico desánimo. ¿Que podía facer? Xa pensaba na interminable e inevitable sesión no pequeno café do ferrocarril, ante un xerro de cervexa imposible de beber, co ilexible xornal do lugar, cando divisei un cortexo fúnebre que xiraba nunha rúa lateral para introducirse na que eu me encontraba.

A vista da carroza mortuoria foi un alivio para min. Eran polo menos dez minutos gañados.

Pero de pronto a miña atención acrecentouse. Só seguían ó morto oito señores, un dos cales choraba. Os outros conversaban amigablemente. Ningún sacerdote os acompañaba. Pensei: "Velaí un enterro civil", despois recapacitei en que unha vila coma Loubain debía ter polo menos un cento de libre pensadores que considerarían como un deber manifestarse. ¿Entón, que pasaba? A marcha rápida da caravana, sen embargo, mostraba ás claras que se enterraba a aquel defunto sen cerimonia e, por conseguinte, sen relixión.

A miña curiosidade ociosa lanzouse ás máis complicadas hipóteses; pero, segundo o coche fúnebre pasaba diante de min, ocorréuseme unha idea barroca: seguilo cos oito señores. Con aquilo tiña, polo menos, unha hora de ocupación; e púxenme en marcha, con aire triste, detrás dos outros.

Os dous últimos volvéronse con asombro, despois falaron entre eles en baixo. Seguramente se preguntaban se eu era da vila. Logo consultaron ós dous precedentes, que, á súa vez, se puxeron a observarme. Aquela atención investigadora incomodábame e, para poñerlle fin, achegueime ós meus veciños. Despois de saudalos, díxenlles:

—Perdoen, señores, se interrompo a súa conversa. Pero como vin un enterro civil, apresureime a seguilo se ben non coñezo o morto que acompañan.

Un dos señores dixo:

—É unha morta.

Quedei abraiado e preguntei:

—Pero, é un enterro civil, ¿non si?

O outro señor, que evidentemente desexaba instruírme, tomou a palabra:

—Si e non. O cura negounos a entrala na igrexa.

Desta vez lancei un "¡Ah!" de estupefacción. Non comprendía nada en absoluto.

O meu cortés veciño confioume en voz baixa:

—¡Oh! elle toda unha historia. Esta moza suicidouse, e por iso non a puidemos enterrar relixiosamente. O seu marido é aquel que ve aí, o primeiro, o que chora.

Entón, dixen, titubeando:

—Asómbrame vostede e esperta en min un gran interese, señor. ¿Sería indiscreto pedirlle que me contase esa historia? Se o importuno, poñamos que non dixen nada.

O señor colleume o brazo con familiaridade:

—Nada diso, nada diso. Mire, imos quedar un pouco atrás. Voulle dicir unha cousa, é moi triste. Temos tempo antes de chegar ó cemiterio, alá enriba onde ve vostede as árbores, pois a costa é dura.

E comezou:

—Saiba que esta rapaza, a señora de Paul Hamot, era filla dun rico comerciante da rexión, o señor Fontanelle. Sendo moi nena, ós once anos de idade, ocorreulle unha desgracia terrible: un criado manchouna. Ela estivo a piques de morrer, danada por aquel miserable a quen a súa brutalidade denunciou. Un espantoso proceso tivo lugar e revelou que había tres meses que a pobre mártir era víctima das vergonzosas prácticas daquel animal. O home foi condenado a traballos forzados a perpetuidade.

»A nena medrou, marcada pola infamia, illada, sen amigas, a penas bicada polas persoas maiores que crían luxa-los labios tocando a súa fronte.

»Transformárase para a vila nunha especie de monstro, de fenómeno. Dicíase en voz baixa: "Xa sabe, a pequena Fontanelle." Na rúa todo o mundo daba a volta cando ela pasaba. Nin sequera podían atopar criadas para levala de paseo, as serventes das outras familias mantíñanse apartadas coma se da criatura emanase un contaxio que se estendese a tódolos que se aproximaban a ela.

»Era mágoa ver aquela pobre pequena nos xardíns onde van xoga-los cativos tódalas tardes. Permanecía soíña, de pé xunto da criada, mirando con tristeza os outros nenos que xogaban. Ás veces, cedendo a un irresistible desexo de se mesturar cos meniños, avanzaba timidamente, con xestos temerosos e entraba nun grupo con paso furtivo, como consciente da súa indignidade. E inmediatamente de tódolos bancos acudían as nais, as criadas, as tías, que agarraban pola man as nenas confiadas á súa custodia e apartábanas brutalmente. A pequena Fontanelle quedaba illada, perdida, sen comprender; e botaba a chorar, co corazón morto de pena. Despois corría a esconde-la cara, saloucando, no mantelo da súa criada.

»Medrou e aínda foi peor. Afastábanse dela as mozas coma se fose unha apestada. Pense que esta moza xa non tiña nada que aprender, nada; que xa non tiña dereito á simbólica flor de azar; que penetrara, case antes de saber ler, no temible misterio que as nais mal deixan adiviñar, tremendo, soamente a noite de vodas.

»Cando pasaba pola rúa, acompañada da súa gobernanta, coma se non a perdesen nunca de vista o temor incesante dalgunha nova e terrible aventura, cando pasaba pola rúa, sempre cos ollos baixos ante a misteriosa vergoña que sentía pesar sobre ela, as outras mozas, menos inxenuas do que se pensa, murmuraban mirándoa de esguello, rían maliciosamente polo baixo e desviaban axiña a cabeza, con aire distraído se, por un casual, ela as miraba.

»A penas a saudaban. Só algúns homes se descubrían. As nais finxían non vela. Algúns lacazáns chamábanlle "señora Baptiste", polo apelido do criado que a aldraxara e a perdera.

»Ninguén coñecía as torturas secretas da súa alma; pois ela a penas falaba e non ría xamais. Os seus propios pais parecían molestos ante ela, como se a acusasen eternamente dalgunha falta irreparable.

»Un home honrado non lle daría con gusto a man a un presidiario liberado, ¿non?, aínda que este fose o seu fillo. O señor e a señora Fontanelle consideraban a súa filla como o farían cun fillo liberado da prisión.

»Ela era bonita e pálida, alta, delgada, distinguida. Ben lle me gustaba, señor, se non fose por aquel asunto.

»Agora ben, cando tivemos novo subprefecto, hai agora dezaoito meses, trouxo canda el o seu secretario particular, un curioso mozo, que vivira no Barrio Latino, segundo parece.

»Viu a señorita Fontanelle e namorouse dela. Contáronlle todo. Limitouse a responder : "¡Boh!, esa é precisamente unha garantía para o futuro. Prefiro que sexa antes ca despois. Con esa muller hei durmir tranquilo."

»Fíxolle as beiras, pediuna en matrimonio e casou con ela. Entón, con bastante atrevemento, fixo as visitas de vodas coma se non pasase nada. Algunhas persoas devolvéronllas, outras abstivéronse. Por fin empezaban a esquecer, e ela ía tendo un lugar no mundo.

»Cómpre dicir que adoraba ó seu home coma a un deus. Pense que el lle devolvera o honor, que a fixera entrar na lei común, que desafiara, forzara a opinión pública, afrontara aldraxes, levara a cabo, en suma, un acto de valentía, que ben poucos homes farían. Así que ela sentía por el unha paixón exaltada e medrosa.

»Quedou encinta e, cando se soubo da súa preñez, as persoas máis entreitizas abríronlle as súas portas, coma se estivese definitivamente purificada pola maternidade. É curioso, pero é así...

»Así que todo ía indo perfectamente, ata que, o outro día, celebrámo-la festa patronal do pobo. O prefecto, rodeado do seu estado maior e das autoridades, presidía o concurso de orfeóns e acababa de pronuncia-lo seu discurso, cando comezou a entrega das medallas que o seu secretario particular, Paul Hamot, impoñía a cada titular.

»Xa sabe que nestes casos sempre hai celos e rivalidades que lle fan perde-la mesura á xente.

»Tódalas damas da vila estaban alí, sobre o estrado.

»O director do coro do pobo de Mormillon avanzou, cando lle tocou a vez. O seu grupo non tiña máis ca unha medalla de segunda clase. Non se lle poden da-las de primeira clase a todo o mundo, ¿ou non?

»Cando o secretario particular lle entregou o premio, vai o home e tírallo á cara berrando: "A túa medalla, pódela gardar para Baptiste. Incluso lle debes unha de primeira clase, igual cá min."

»Alí había unha morea de aldeáns que botaron a rir. O pobo non é caritativo nin delicado, e tódolos ollos viraron cara a esta pobre señora.

»¡Ai, señor!, ¿viu vostede algunha vez a unha muller tolear?

—Non.

—Pois ben, ¡nós asistimos a ese espectáculo! Ergueuse e volveu caer no asento tres veces seguidas coma se quixese fuxir e comprendese que non podería atravesar toda aquela multitude que a rodeaba.

»Unha voz, en algures, entre o público, aínda berrou: "¡Ei, señora Baptiste!"

»Entón elevouse un gran rumor, composto de bromas e de indignación.

»Era unha marea, un tumulto; tódalas cabezas bulían. Contábanse o conto; alzábanse para ver que cara poñía aquela desgraciada; os homes elevaban as súas mulleres nos brazos para llela ensinar; a xente preguntaba: "¿Cal é?, ¿a de azul? Os pequenos lanzaban berros de galo; grandes risadas estalaban por todas partes.

»Ela xa non se movía, trastornada, no seu asento de cerimonia, coma se estivese colocada de mostra para a asemblea. Nin podía desaparecer, nin disimula-lo seu rostro. As súas pálpebras pestanexaban precipitadamente coma se unha gran luz lle queimase os ollos; e refolgaba coma un cabalo que sobe unha costa.

»Partía o corazón mirala.

»O señor Hamot botáralle as mans ó colo a aquel groseiro personaxe e rodaban polo chan no medio dun espantoso tumulto.

»Interrompeuse a cerimonia.

»Unha hora máis tarde, no momento en que os Hamot regresaban á casa, a nova señora, que non pronunciara unha soa palabra desde o escándalo, pero que tremía coma se tódolos seus nervios se puxesen en danza por un resorte, saltou de súpeto o parapeto da ponte sen que o seu marido tivese tempo de suxeitala, e tirouse ó río.

»A auga é profunda baixo os arcos. Tardaron dúas horas en conseguir sacala da auga. Estaba morta, naturalmente.

*

 

O narrador calou. Logo engadiu :

—Tal vez fose o mellor que puido facer na súa posición. Hai cousas que non se borran.

»Agora entende por qué o cura negou a porta da igrexa. ¡Oh! se o enterro fose relixioso toda a vila había vir. Pero comprenderá que co suicidio engadido á outra historia, as familias renunciaron; e ademais, élle ben difícil, aquí, asistir a un enterramento sen curas.

Traspasámo-la porta do cemiterio. Eu agardei, moi conmovido, a que baixasen o cadaleito á fosa para aproximarme ó pobre do mozo que saloucaba e apertarlle enerxicamente a man.

Olloume con sorpresa a través das bágoas, despois dixo:

—Gracias señor.

Eu non lamentei ter acompañado aquel cortexo.

 

 

 

 

 

 

A pequena Roque

 

O peón Médéric Rompel, a quen as xentes do país chamaban familiarmente Médéri, partiu á hora habitual da casa do correo de Roüy-le-Tors. Despois de atravesa-la pequena vila, ó seu longo paso de antigo soldado, cortou primeiramente polos prados de Villaumes para alcanza-la beira do Brindille, que o conducía, seguindo a corrente, ó poboado de Carvelin, onde comezaba o seu reparto.

Ía rápido, ó longo do estreito río que escumaba, roñaba, fervía e corría polo seu leito de herbas, baixo unha bóveda de salgueiros. As grandes rochas, detendo o seu curso, presentaban arredor delas un rodete de auga, unha especie de gravata terminada nun nó de escuma. Nalgunhas partes, había cascadas dun pé de alto, a miúdo invisibles, que producían, so as follas, so as lianas, so un teito de verdor, un gran ruído colérico e doce; logo, máis adiante, as beiras ancheábanse e atopábase un pequeno lago apracible onde nadaban as troitas entre toda esa cabeleira verde que ondea no fondo dos riachos tranquilos.

Médéric seguía a andar, sen ver nada e sen pensar máis ca nisto: "A primeira carta é para a casa Poivron, como teño unha para o señor Renardet, terei que atravesa-lo arboredo."

A súa blusa azul, cinguida ó van cun cinto de coiro negro, sobresaía cun paso rápido e regular pola ringleira verde dos salgueiros; e o seu bastón, un forte pao de acevo, ía andando a carón del co mesmo movemento cás súas pernas.

Cruzou, logo, o Brindille por unha ponte feita cunha soa árbore, tendida dun lado ó outro, que tiña como único pasamán unha corda atada a dúas estacas espetadas nas ribeiras.

O arboredo, que pertencía ó señor Renardet, alcalde de Carvelin e o máis rico propietario do lugar, era unha especie de bosque de árbores moi vellas, enormes, dereitas coma columnas e que se estendían a unha media legua de lonxitude, pola marxe esquerda do regato que servía de límite a aquela inmensa bóveda de follaxe. Ó longo da auga, medraran grandes arbustos, coa calor do sol; pero baixo o alto arboredo só se atopaba brión, un brión mesto, suave e dondo, que exhalaba no aire estancado un lixeiro olor a mofo e a follas mortas.

Médéric moderou o paso, tirou o quepis negro adornado cun galón vermello e enxugou a fronte, pois xa ía calor nos prados, se ben aínda non eran as oito da mañá.

Acababa de cubrirse de novo e de reinicia-lo seu paso acelerado cando albiscou, ó pé dunha árbore, unha navalla, unha navalliña de neno. Segundo a recollía aínda descubriu un dedal, logo un alfineteiro dous pasos máis aló.

Despois de coller aqueles obxectos, pensou: "Voullos confiar ó señor alcalde"; e retomou a marcha; pero agora levaba os ollos ben abertos, esperaba encontrar algunha outra cousa.

De súpeto, parou en seco, coma se batese contra unha barra de madeira; pois dez pasos máis adiante, xacía, de costas, un corpo infantil, espido, sobre o brión. Era unha rapaciña duns doce anos. Tiña os brazos abertos, as pernas separadas, a cara cuberta cun pano das mans. Un pouco de sangue manchaba as súas coxas.

Médéric púxose a avanzar nas puntas dos pés, como se temese algún perigo, e desorbitaba os ollos.

¡Pero, que era aquilo! Ben seguro que estaba durmindo. Despois recapacitou en que non se dorme así espido, ás sete e media da mañá, baixo o frescor das árbores. Daquela estaba morta; e el atopábase en presencia dun crime. Ante esta idea, un calafrío percorreulle os cadrís, aínda que fose un soldado veterano. E ademais era cousa tan rara na rexión un asasinato, e o asasinato dunha nena, por riba, que non podía dar creto ó que vía. Pero non tiña ningunha ferida, nada máis que aquel sangue callado na perna. ¿E logo, como a matarían?

Detivérase moi preto dela; e contemplábaa, apoiado no caxato. Coñecíaa de fixo, pois que coñecía a tódolos habitantes da comarca; pero, como non lle podía ve-la cara, non podía adiviña-lo seu nome. Inclinouse para quita-lo pano que lle cubría o rostro; despois, parou, coa man estendida, retido por unha reflexión.

¿Tiña dereito a cambiar algunha cousa no estado do cadáver antes das investigacións da xustiza? Imaxinaba a xustiza como unha especie de xeneral ó que non lle escapa nada e que atribúe tanta importancia a un botón perdido coma a unha coitelada no ventre. Baixo aquel pano quizá se atopase unha proba capital; era unha proba acusatoria, en fin, que podía perde-lo seu valor se lle tocaba unha man inhábil.

Entón, ergueuse para correr á casa do señor alcalde; pero retívoo outro pensamento de novo. Se por casualidade a mociña aínda estaba viva, non a podía abandonar así. Púxose de xeonllos, moi de vagar, bastante lonxe dela por prudencia, e estendeu a man cara a un pé. Estaba frío, xeado, con ese frío terrible que volve espantosa a carne morta, e que non deixa lugar a dúbidas. Ó carteiro, con aquel tacto, deulle un brinco o corazón, como dixo máis tarde, e o cuspe secóuselle na boca. Levantándose bruscamente, botou a correr polo arboredo cara á casa do señor Renardet.

Ía a paso ximnástico, co caxato baixo do brazo, os puños pechados, a cabeza para adiante; e a súa carteira de coiro, chea de cartas e de xornais, batíalle cadenciosamente os riles.

A residencia do alcalde atopábase ó final do bosque, que lle facía de parque, e toda unha esquina das súas paredes somerxíase nun pequeno estanque que formaba naquel lugar o Brindille.

Era unha gran casa cadrada, de pedra gris, moi antiga, que sufrira asedios noutro tempo, e estaba rematada por unha torre enorme, de vinte metros de altura, edificada na auga.

Dende o alto daquela cidadela, vixiábase antano toda a rexión. Chamábanlle a torre do Renard1, sen que se soubese exactamente por qué; e daquel nome, sen dúbida, saíra o apelido de Renardet que levaban os propietarios daquel feudo, pertencente á mesma familia dende había máis de douscentos anos, disque. Pois os Renardet formaban parte desa burguesía case nobre que se atopaba a miúdo nas provincias antes da Revolución.

O carteiro entrou con ímpeto na cociña onde almorzaban os criados e berrou :

—¿O siñor alcalde xa se ergueu? Teño que falar con el agora mesmo.

Sabían que Médéric era un home de peso e de autoridade e comprenderon de seguida que algo grave tiña que ter sucedido.

Avisado, o señor Renardet ordenou que o levasen onda el. O peón, pálido e sen alento, co quepis na man, atopou o alcalde sentado ante unha longa mesa cuberta de papeis esparexidos.

Era un home groso e alto, pesado e coloradote, forte coma un boi, e moi querido na rexión, aínda que violento en exceso. Duns corenta anos de idade, levaba viúvo seis meses, vivía nas súas terras coma un xentilhome rústico. O seu temperamento fogoso causáralle a miúdo arduos problemas dos que o sacaban sempre os maxistrados de Roüy-le-Tors, como amigos indulxentes e discretos. ¿Pois non chimpara, un día, desde o alto do seu pescante ó conductor da dilixencia porque estivera a piques de atropela-lo seu can de caza Micmac? ¿Non lle partira as costelas a un garda de caza que lle poñía unha denuncia porque atravesaba, coa escopeta ó brazo, unha terra que pertencía ó seu veciño?¿Non lle botara incluso as mans ó pescozo ó subprefecto que parara no pobo, no decurso dunha viaxe administrativa cualificada polo señor Renardet de xira electoral?; pois el formaba parte da oposición ó goberno por tradición familiar.

O alcalde preguntou:

—¿E logo que ocorre Médéric?

—Atopei unha rapasiña morta por onda a súa fraga.

Renardet púxose en pé, coa cara cor ladrillo:

—¿Di vostede... unha rapaciña?

—Si siñor, unha rapasiña, toda espida, de costas, con sangue, morta e ben morta.

O alcalde xurou:

—¡Cagon tal!: poño algo a que é a pequena Roque. Acábanme de avisar de que non volveu á casa de súa nai onte á noite. ¿En que lugar a descubriu vostede?

O carteiro indicou o sitio, deu os detalles, ofreceuse a acompañar ó alcalde.

Pero Renardet virou brusco:

—Non. Non o necesito. Mándeme en seguida o garda rural, o secretario do concello e o médico, e continúe a súa rolda. Axiña, axiña, vaia, dígalles que se reúnan comigo no arboredo.

O peón, respectuoso das ordes, obedeceu e retirouse, furioso e apesarado por non asistir ás constatacións.

O alcalde saíu, á súa vez, colleu o seu chapeo, un gran chapeo flexible, de feltro gris, coas abas moi anchas, e detívose uns segundos no limiar da vivenda. Ante el estendíase un vasto céspede no que brillaban tres grandes manchas, vermello, azul e branco2, tres anchos macizos de flores abertas, un fronte á casa e os outros ós lados. Máis ó lonxe, alzábanse ata o ceo as primeiras árbores do bosque, mentres que á esquerda, por riba do Brindille que se ancheaba formando un estanque, albiscábanse longas praderías, toda unha terra verde e cha, cortada por regatos e sebes de salgueiros semellantes a monstros, ananos barrigáns, sempre podados e soportando sobre un tronco enorme e curto un plumeiro trémulo de pólas delgadas.

Á dereita, detrás das cortes, dos pendellos, de tódalas construccións que dependían da propiedade, comezaba o pobo, rico, habitado por criadores de bois.

Renardet descendeu lentamente os chanzos da escalinata e, tirando á esquerda, alcanzou a beira da auga que seguiu a pasos lentos, coas mans nas costas. Andaba coa cabeza baixa; e de cando en vez miraba arredor del por se vía as persoas que mandara buscar.

Cando chegou baixo as árbores, parou, descubriuse e limpou a fronte como fixera Médéric, pois o ardente sol de xullo caía coma unha choiva de lume sobre a terra. Logo, o alcalde retomou a ruta, volveu parar, retornou sobre os seus pasos. De pronto, baixándose, mollou o pano no regato que corría ós seus pés e estendeuno pola cabeza, por debaixo do chapeo. Gotas de auga pingábanlle ó longo das tempas, polas orellas sempre violeta, polo colo poderoso e vermello, e entraban, unha detrás doutra, baixo o colo branco da camisa.

Como ninguén aparecía aínda, púxose a petar co pé, logo chamou:

—¡Ei!, ¡ei!

Unha voz respondeu á dereita:

—¡Ei!, ¡ei!

E apareceu o médico baixo as árbores. Era un home pequeno e fraco, antigo cirurxián militar, que tiña sona, no contorno, de ser moi competente. Coxeaba, pois ferírano no servicio e axudábase cun bastón para andar.

Logo viron o garda de campo e o secretario do concello, que, avisados ó mesmo tempo, chegaban xuntos. Traían cara de susto e acudían sen folgo, andando e trotando alternativamente para apuraren máis e axitaban tanto os brazos que parecía traballasen máis con eles que coas pernas.

Renardet díxolle ó médico:

—¿Sabe de que se trata?

—Sei, dunha nena morta que atopou no bosque Médéric.

—Iso é. Vamos.

Botaron a andar, un a carón do outro, seguidos polos dous homes. Os seus pasos non facían ruído ningún polo brión; os seus ollos escudriñaban aló, cara a adiante.

O doutor Labarbe estendeu o brazo, de repente:

—¡Mire!, ¡alí está!

Moi lonxe, baixo as árbores, albiscábase algo claro. Se non soubesen o que era, non o adiviñarían. Semellaba brillante e tan branco que se confundiría cun pano caído, pois un raio de sol, que esvaraba entre as ramas, iluminaba a carne pálida cunha gran liña oblicua a través do ventre. Ó aproximárense, ían distinguindo pouco a pouco a forma, a cabeza cuberta, virada cara a auga e os dous brazos abertos coma para unha crucifixión.

—Teño unha calor horrible –dixo o alcalde.

E, baixándose ata o Brindille, mollou de novo o pano que volveu colocar sobre a fronte.

O médico apresuraba o paso, interesado polo descubrimento. En canto chegou onda o cadáver, inclinouse para examinalo, sen lle tocar. Puxera uns anteollos coma cando se mira un obxecto curioso, e daba voltas ó redor con moita calma.

Dixo, sen se erguer:

—Violación e asasinato que imos constatar nun instante. Por outra parte esta mociña é case unha muller, observen o seu busto.

Os dous seos, bastante grandes xa, derramábanse sobre o peito, amolecidos pola morte.

O médico alzou lixeiramente o pano que cubría a faciana. Esta apareceu negra, horrorosa, coa lingua fóra, os ollos saíntes. O médico continuou:

—Concho, estrangulárona, cando remataron o asunto.

Apalpaba o colo:

—Estrangulada coas mans, sen deixar, ademais, ningunha traza particular, nin marca de unllas nin pegada de dedos. Moi ben. É a pequena Roque, en efecto.

Recolocou delicadamente o pano:

—Non podo facer nada; leva morta doce horas polo menos. Hai que avisa-lo xuíz.

Renardet, de pé, coas mans nas costas, miraba fixamente o pequeno corpo tendido na herba. Murmurou:

—Que miserable. Hai que busca-las súas roupas.

O médico apalpaba as mans, os brazos, as pernas. Dixo:

—Sen dúbida, acababa de tomar un baño. Deben estar á beira do río.

O alcalde ordenou:

—Ti, Principe –era o secretario do concello–, vasme buscar esas roupas ó longo do río. Ti, Máxime –era o garda rural– vas ir correndo a Roüy-le-Tors e traerme o xuíz de instrucción cos xendarmes. Teñen que estar aquí dentro dunha hora. ¿Oíches?

Os dous homes afastáronse rapidamente, e Renardet díxolle ó doutor:

-—¿Que canalla puido facer semellante falcatruada nesta rexión?

O médico murmurou:

—¿Quen sabe? Todo o mundo é capaz disto. Todo o mundo en particular e ninguén en xeral. Tanto ten, debeu ser algún vagabundo, algún obreiro sen traballo. Desde que témo-la república, só se atopa diso polas estradas.

Ámbolos dous eran bonapartistas.

O alcalde continuou:

—Si, só pode ser un forasteiro, un transeúnte, un vagabundo sen casa nin fogar...

O médico engadiu cun vago sorriso:

—E sen muller. Non tendo nin boa cea, nin bo albergue, procurou o resto. Quen sabe a cantidade de homes que hai sobre a terra capaces dunha malfeitoría nun momento dado. ¿Sabía vostede que esta pequena desaparecera?

E co extremo do caxato, tocaba, un tras doutro, os dedos ríxidos da morta, preméndoos coma as teclas dun piano.

—Sabía. A nai veume buscar onte, contra as nove, dado que a nena non regresara ás sete para cear. Andamos chamando por ela ata a media noite polos camiños; pero non pensamos no arboredo. Ademais había que agardar polo día, para efectuar unha busca verdadeiramente útil.

—¿Quere un cigarro? –dixo o médico.

—Gracias, non teño gana de fumar. Ponme enfermo ver isto.

Permanecían de pé ámbolos dous fronte a aquel fráxil corpo de adolescente, tan pálido, sobre o brión escuro. Unha mosca gorda de ventre azul que paseaba ó longo dunha coxa, parou sobre as manchas de sangue, volveu seguir, subindo sempre, percorrendo o flanco co seu andar vivo e bulideiro, subiu por un seo, despois volveu baixar para explora-lo outro, buscando algo que beber sobre aquela morta. Os dous homes miraban aquel punto negro errante.

O médico dixo:

—Que ben di unha mosca sobre a pel. As damas do século pasado facían ben en pegar unha na cara2. ¿Por que se perdería ese uso?

O alcalde non parecía oílo, perdido nos seus pensamentos.

Mais de pronto virou, pois sorprendérao un ruído; unha muller cun gorro e un mantelo azul acudía baixo as árbores. Era a nai, a Roque. Des que viu a Renardet, púxose a berrar:

—A miña piquena, ¿ondestá a miña piquena? –tan enlouquecida que non miraba para o chan. Viuna de pronto, detívose, xuntou as mans, levantou os dous brazos lanzando un clamor agudo e esgazado, un clamor de besta mutilada.

Despois botouse cara o corpo, caeu de xeonllos e sacou, coma se o arrincase, o pano que cubría a cara. Cando viu aquel rostro espantoso, negro e convulso, ergueuse dun chimpo, despois tirouse coa cara contra a terra, lanzando na espesura do brión uns berros horrorosos e continuos.

O seu gran corpo fraco ó que se pegaba a roupa, sacudido de convulsións, palpitaba. Víanselle os tornecelos osudos e as pernas secas envoltas en grosas medias azuis estremecerse horriblemente; e escavaba o chan cos seus dedos encurvados como querendo facer un burato e esconderse nel.

O médico, conmovido, murmurou:

—¡Pobre vella!

O ventre de Renardet fixo un ruído singular, despois botou unha especie de espirro ruidoso que lle saíu ó mesmo tempo polo nariz e pola boca; e, sacando o pano do peto, botou a chorar coa cara nel, tusindo, saloucando e soándose ruidosamente. Balbucía:

—Mal... mal... maldita sexa, o porco que fixo isto... Quen... quen... me dera velo guillotinado...

Pero Principe reapareceu, con aire desolado e as mans baleiras. Murmurou:

—Non atopo nada, señor alcalde, nada de nada por ningures.

O outro, azorado, respondeu cunha voz xorda, afogada entre as bágoas:

—¿Que é o que non atopas?

—As roupas da pequena.

—Pois... pois... segue buscando... e... e... atópaas... ou... heiche dar eu a ti.

O home, sabendo que ó alcalde non se lle resistía un, volveu marchar cun paso desanimado botando sobre o cadáver unha ollada solapada e temerosa.

Unhas voces afastadas elevábanse entre as árbores, un rumor confuso, o ruído dunha multitude que se aproximaba; pois Médéric, co reparto, espallara a noticia de porta en porta. As xentes da rexión, ó primeiro estupefactas, falaran daquilo na rúa, dunha porta á outra; despois reuníranse; parolaran, discutiran, comentaran o acontecemento durante uns minutos; e agora viñan ver.

Chegaban en grupos, un pouco indecisos e inquietos, por temor á primeira impresión. Cando albiscaron o corpo, detivéronse, sen se atreveren a avanzar máis e falando en voz baixa. Despois animáronse, deron algúns pasos, detivéronse outra vez, volveron avanzar, e axiña formaron arredor da morta, de súa nai, do médico e de Renardet, un círculo mesto, axitado e ruidoso que se apertaba coas empurradas súbitas dos últimos que viñeran. Pronto chegaron onda o cadáver. Algúns mesmo se abaixaron para o apalpar. O médico apartounos. Mais o alcalde, saíndo bruscamente do seu torpor, enrabechouse e, agarrando o bastón do doutor Labarbe, lanzouse sobre os seus administrados balbucindo:

—¡Fóra de aquí... fóra de aquí... banda de bestas... fóra de aquí!...

Nun segundo, o cordón de curiosos ampliouse a douscentos metros.

A Roque levantárase, dera media volta e sentara, e agora choraba coas mans xuntas sobre a cara.

Entre a multitude discutíase o caso; e ollos ávidos de rapaces escrutaban o xuvenil corpo descuberto. Renardet decatouse e, quitando rapidamente a súa chaqueta de tea, botouna sobre a mociña que desapareceu toda enteira baixo a grande prenda.

Os curiosos volvéronse achegar a modiño; o arboredo enchíase de xente; un continuo rumor de voces subía por entre a follaxe mesta das grandes árbores.

O alcalde, en mangas de camisa, permanecía de pé, co caxato na man, en actitude de combate. Parecía exasperado por aquela curiosidade do pobo e repetía:

—¡Se un de vós se achega, pártolle a testa coma a un can!

Os campesiños tíñanlle moito medo; mantivéronse a distancia. O doutor Labarbe, que estaba fumando, sentou a carón da Roque, e faloulle, intentando distraela. A vella de seguida quitou as mans da cara e respondeu cun fluxo de palabras aflictivas, baleirando a dor na abundancia da súa conversación. Contou toda a súa vida, o seu matrimonio, a morte do seu home, boieiro, morto dunha cornada, a infancia da súa filla, a súa existencia miserable de viúva sen recursos coa pequena. Ela só tiña iso, a súa pequena Luísa: e matáranlla, matáranlla naquel bosque. De pronto, quixo volvela ver e, arrastrándose de xeonllos ata o cadáver, levantou unha esquina da peza que a cubría; logo deixouna caer e botou a berrar de novo. A multitude calaba, observando avidamente tódolos xestos da nai.

Pero entón tivo lugar unha grande axitación e berraron:

—¡Os xendarmes, os xendarmes!

Dous xendarmes aparecían ó lonxe, chegaban a toda velocidade, escoltando ó capitán e a un homiño de patillas vermellas, que danzaba coma un mono nunha alta egua branca.

O garda rural atopara ó señor Putoin, o xuíz de instrucción, xusto no momento en que montaba no cabalo para da-lo seu paseo de tódolos días, pois tiña pretensións de bo xinete, para gran contento dos oficiais.

Botou pé a terra co capitán e apertou as mans do alcalde e do doutor, botando unha ollada de fuíña sobre a chaqueta de tea que inflaba o corpo tendido debaixo.

Cando estivo perfectamente ó corrente dos feitos, mandou primeiro que apartasen o público que os xendarmes expulsaron do arboredo, pero que axiña reapareceu no prado e formou unha ringleira, unha longa ringleira de caras excitadas e buliciosas ó longo do Brindille, do outro lado do río.

O médico, pola súa banda, deu explicacións que Renardet escribiu a lapis na súa axenda. Tódalas constatacións foron feitas, rexistradas e comentadas sen achegar ningún descubrimento. Príncipe tamén regresara sen atopar trazas da roupa.

Aquela desaparición sorprendía a todo o mundo, non podendo ninguén explicala máis que por roubo e, como os seus farrapos non valían nin vinte patacóns, o propio roubo era inadmisible.

O xuíz de instrucción, o alcalde, o capitán e mailo doutor puxéronse eles mesmos a buscar de dous en dous, apartando as máis pequenas ramas arredor da auga.

Renardet dicíalle ó xuíz:

—¿Como é posible que ese miserable escondese ou levase a roupa e deixase así o corpo ó aire, a plena luz?

O outro, raposeiro e perspicaz, respondeu:

—¡He, he! ¿Unha argucia, quizá? Este crime foi cometido ou por unha besta ou por un teimado canalla. Sexa como fose, habemos chegar a descubrilo.

Un ruído de coche fíxolles volve-la cabeza. Eran o substituto, o médico e o escribán do tribunal que chegaban, á súa vez. Recomezaron as investigacións mentres falaban con animación.

Renardet dixo de pronto:

—Xa saben que os invito a xantar.

Todo o mundo aceptou con sorrisos e o xuíz de instrucción, opinando que, por aquel día, xa se ocuparan abondo da pequena Roque, virou cara ó alcalde:

—Podo mandar que leven o corpo á súa casa ¿ou? Terá un cuarto para mo gardar alí ata a noite.

O outro turbouse, balbucindo:

—Si, non... non... A dicir verdade prefiro que non entre na miña casa... por... polos criados... que... que xa falan de aparecidos na... na miña torre, na torre do Renard... Xa sabe... Non me quedaría nin un... Non... Prefiro non levalo á miña casa.

O maxistrado sorriu:

—Ben... Vou mandar que a leven inmediatamente a Roüy, para o exame legal.

E volvéndose para o substituto:

—Podo utiliza-lo seu coche, ¿non si?

—Pode, claro.

Todo o mundo regresou cabo do cadáver. A Roque agora, sentada a carón da súa filla, tíñaa collida da man, e miraba á fronte, cunha ollada vaga e embrutecida.

Os dous médicos intentaron sacala de alí para que non vise leva-la pequena; pero ela comprendeu de contado o que ían facer e, botándose sobre o corpo, agarrouno cos dous brazos. Deitada encima, berraba:

—¡Non ma levaredes, é miña, agora é miña! Matáronma; ¡quéroa gardar pa min, non ma levaredes!

Tódolos homes arrepiados e indecisos, permanecían de pé arredor dela. Renardet púxose de xeonllos para lle falar:

—Escoite, señora Roque, é necesario, para saber quen a matou; se non, non o saberiamos; cómpre buscalo para o castigar. Habémoslla devolver cando o atopemos, prométollo.

Este razoamento fixo que vacilase a muller e, coa xenreira acendéndose no seu ollar enlouquecido, dixo:

—¿Entón, hano collere?

—Han, prométollo.

Ergueuse, decidida a deixar que actuasen aquelas xentes; pero como o capitán murmurase: "É sorprendente que non se atopen as súas roupas", unha idea nova que aínda non se lle ocorrera entrou bruscamente na súa cabeza de campesiña e preguntou:

—¿Onde van as súas roupas?, son miñas. Quéroas. ¿Onde as botaron?

Explicáronlle que non as encontraran; entón reclamounas cunha teimosía desesperada, chorando e xemendo:

—Son miñas, quéroas; ¿onde están, que as quero?

Canto máis intentaban calmala, máis saloucaba, máis se obstinaba. Xa non pedía o corpo, quería as roupas, as roupas da súa filla, tanto quizá por unha inconsciente cobiza de miserable para quen unha moeda de prata representa unha fortuna, como por tenrura maternal.

E cando o pequeno corpo, envolto nunhas mantas que foran buscar á casa de Renardet, desapareceu no coche, a vella, de pé baixo as árbores, sostida polo alcalde e polo capitán, berraba:

—Xa non me queda nada, nada, nada no mundo, nin sequera o seu gorriño, o seu gorriño; xa non me queda nada de nada, nin sequera o seu gorriño.

Acababa de chega-lo cura; un cura moi novo, xa gordo. Encargouse de leva-la Roque, e marcharon xuntos cara o pobo. A dor da nai atenuábase coa palabra melosa do eclesiástico que lle prometía mil compensacións. Pero ela repetía sen cesar:

—Só se tivese o seu gorriño...

Obstinábase nesa idea que dominaba agora sobre tódalas demais.

Renardet berrou de lonxe:

—Vostede xanta connosco, señor cura. De aquí a unha hora.

O párroco virou a cabeza e respondeu:

—Encantado, señor alcalde. Estarei na súa casa ó mediodía.

E todo o mundo se dirixiu cara a casa, a fachada gris da cal e maila gran torre chantada á beira do Brindille se albiscaban a través das ramas.

O xantar durou moito tempo; falábase do crime. Todo o mundo era do mesmo parecer; fora cometido por algún vagabundo que pasaba por alí casualmente, mentres que a pequena tomaba un baño.

Logo os maxistrados regresaron a Roüy, anunciando que volverían ó día seguinte pola mañá cedo; o médico e mailo cura volveron ás súas casas, en tanto que Renardet, despois dun longo paseo polas praderías, retornou baixo o arboredo por onde paseou ata a noite, a pasos lentos, coas mans nas costas.

Deitouse moi cedo, e aínda durmía á mañá seguinte cando o xuíz de instrucción penetrou no seu cuarto. Refregaba as mans, parecía contento; dixo:

—¡Ah!, ¡ah!, ¡aínda dorme! Pois ben, querido amigo, hai novidades esta mañá.

O alcalde sentara no leito:

—¿O que, logo?

—¡Oh!, algo singular. Ben lembrará como a nai reclamaba onte un recordo da súa filla, sobre todo o seu gorriño. Pois, ó abri-la porta esta mañá, atopou no limiar as dúas zoquiñas da nena. Isto proba que o crime foi cometido por alguén da rexión, por alguén que tivo mágoa dela. Ademais, o carteiro Médéric tróuxome o dedal, a navalla e mailo alfineteiro da morta. Así que o home, ó leva-las roupas para escondelas, deixou cae-los obxectos que había no peto. En canto a min, doulle importancia sobre todo ó feito das zocas que indica unha certa cultura moral e a facultade de entenrecemento no asasino. Imos, logo, se lle parece, pasar revista xuntos ós principias habitantes do seu municipio.

O alcalde erguérase. Chamou para que lle trouxesen auga quente para a barba. Dicía:

—Con moito gusto; pero vai ser longo e podemos comezar inmediatamente.

O señor Putoin sentara a cabalo dunha cadeira continuando, así, mesmo nos cuartos, coa súa manía da equitación.

O señor Renardet, agora, enzoufaba o queixelo de escuma branca mirándose no espello; despois afiou a navalla barbeira no coiro e continuou:

—O principal habitante de Carvelin chámase Joseph Renardet, alcalde, rico propietario, home testán que bate nos gardas e nos cocheiros...

O xuíz de instrucción botou a rir:

—Xa abonda; pasemos ó seguinte...

—O segundo en importancia é o señor Pelledent, tenente de alcalde, criador de bois, igualmente rico propietario, campesiño astuto, con moita retranca, moi retorcido en cuestións de cartos, pero incapaz, na miña opinión, de cometer tal falcatruada.

O señor Putoin dixo:

—Sigamos.

Entón, sen deixar de barbearse e de lavarse, Renardet continuou coa inspección moral de tódolos habitantes de Carvelin. De alí a dúas horas de discusión, as súas suposicións recaían sobre tres individuos bastante sospeitosos: un cazador furtivo chamado Cavalle, un pescador de troitas e cangrexos, chamado Paquet e un boieiro chamado Clovis.

II

As investigacións duraron todo o verán; non se descubriu o criminal. Os que eran sospeitosos e que foron detidos probaron doadamente a súa inocencia, e o xulgado tivo que renunciar á persecución do culpable.

Pero aquel asasinato parecía que conmovera o pobo enteiro dun xeito especial. Quedara nas almas dos habitantes unha inquietude, un medo vago, unha sensación de terror misterioso, provinte non só da imposibilidade de descubrir ningún rastro, senón tamén e sobre todo, daquel estraño achado das zocas diante da porta da Roque, ó outro día. A certeza de que o asasino asistira ás dilixencias, de que, a non dubidar, vivía aínda no poboado, asediaba ós espíritos, obsesionábaos, semellaba planar sobre a rexión coma unha incesante ameaza.

O arboredo, por outra parte, convertérase nun lugar temido, evitado, que se cría enmeigado. Noutrora, os habitantes ían pasear por el os domingos pola tarde. Sentaban no brión, ó pé das árbores enormes, ou ben andaban ó longo da auga axexando as troitas que fuxían baixo as herbas. Os rapaces xogaban á petanca, ós bolos, ás chucas, á pelota en certos lugares que descubriran e onde achandaran e bateran a terra; e as mozas, en grupos de catro ou cinco, paseaban de ganchete, cantaruxando coas súas agudas voces romanzas que mancaban os oídos, as notas falsas das cales perturbaban o aire tranquilo e cortaban os dentes, coma as gotas de vinagre. Agora xa ninguén andaba baixo a bóveda espesa e alta, coma se seguisen esperando atopar algún cadáver alí escondido.

Veu o outono, caeron as follas. Caían día e noite, descendían xirando, redondas e lixeiras, ó longo das grandes árbores; e comezábase a ve-lo ceo a través das ramas. Ás veces, cando unha refoleada de vento pasaba polas cimas, a choiva, lenta e continua, condensábase de repente, convertíase en chuvasco que murmuraba vagamente e cubría o brión cunha mesta alfombra amarela, que triscaba un pouco baixo os pasos. E o murmurio case imperceptible, o murmurio fluctuante, incesante, doce e triste daquela caída, semellaba un queixume, e aquelas follas sempre caendo, semellaban bágoas, grandes bágoas vertidas polas grandes árbores tristes que choraban día e noite pola fin do ano, pola fin das auroras tépedas e dos doces crepúsculos, pola fin das brisas cálidas e dos claros soles, e, quizá, tamén polo crime que viran cometer á súa sombra, pola nena violada e morta ó pé delas. Choraban no silencio do bosque deserto e baleiro, do bosque abandonado e temido, onde debía errar, soa, a alma, a almiña da pequena morta.

O Brindille, crecido coa auga das chuvieiras, corría máis rápido, amarelo e colérico entre as súas marxes secas, entre dúas sebes de salgueiros fracos e nus.

E velaí que Renardet, de súpeto, volveu pasear polo arboredo. Cada día, ó caer da noite, saía da súa casa, descendía a pasos lentos a escalinata e ía andando baixo as árbores con aire pensativo, as mans nos petos. Camiñaba durante moito tempo sobre o brión húmido e dondo, namentres que unha lexión de corvos, que acudían de toda a veciñanza para durmir nas altas cimas, se despregaba a través do espacio, á maneira dun inmenso veo de loito flotando ó vento, lanzando uns clamores violentos e sinistros.

Algunhas veces, pousábanse, cribando de manchas negras as ramas enmarañadas no ceo vermello, no ceo sanguento dos crepúsculos do outono. Logo, de repente, volvían marchar grallando horriblemente e despregando de novo por riba do bosque o longo festón sombrío do seu voo.

Por fin, abatíanse sobre as cimas máis altas e cesaban pouco a pouco os seus rumores, en tanto que a noite crecente mesturaba as súas plumas negras á negrura do espacio.

Renardet seguía vagando o pé das árbores, lentamente; logo, cando as tebras opacas xa non lle permitían andar máis, regresaba, caía coma unha masa na súa butaca, ante a cheminea clara, estendendo cara ó fogar os pés húmidos que fumegaban longo tempo contra a chama.

Agora ben, certa mañá unha gran nova correu pola rexión: o alcalde mandara corta-lo arboredo.

Vinte leñadores xa andaban a traballar. Comezaran pola esquina máis próxima á casa e ían rápido en presencia do amo.

Inicialmente, os podadores trepaban polo tronco.

Atados a este por un colar de corda, primeiro abrázano, logo, alzando unha perna, petan fortemente nel coa punta de aceiro fixada ás solas. A punta entra na madeira, queda alí cravada e o home elévase coma por un chanzo para petar coa punta do outro pé, sobre a que se ha soster de novo, recomezando coa primeira.

E, a cada ascensión, coloca máis arriba o colar de corda que o ata á árbore; a macheta de aceiro pende e reloce nos seus cadrís. Trepa sempre a modiño coma un bicho parasito que ataca a un xigante, sobe pesadamente ó longo da inmensa columna, abrazándoa, esporeándoa para ila decapitar.

Des que chega ás primeira pólas, detense, desprende do seu flanco a podadora aguda e golpea. Golpea con lentitude, con método, tallando o membro moi preto do tronco; e, de repente a póla renxe, cede, inclínase, arríncase e abátese rozando na súa caída as árbores contiguas. Despois esnáfrase contra o chan cun gran ruído de madeira que parte, e tódalas súas poliñas miúdas palpitan un bo anaco.

O chan cubríase de restos que outros homes cortaban á súa vez, amañaban en feixes e xuntaban en montóns, mentres que as árbores que quedaban aínda en pé semellaban postes desmesurados, estacas xigantescas amputadas e afeitadas polo aceiro cortante das podadoras.

E, cando o podador terminaba a súa tarefa, deixaba no cumio teso e delgado do tronco o colar de corda que levara ata alí, volvía baixar de seguida a golpes de espora ó longo do tronco demoucado que os leñadores atacaban entón pola base, pegando grandes golpes que retumbaban en todo o resto do arboredo.

Cando a ferida do pé semellaba bastante profunda, algúns homes tiraban, dando un berro cadencioso, pola corda fixada ó cumio, e o inmenso mastro de súpeto renxía e caía no chan co ruído xordo e a sacudida dun canonazo afastado.

E o bosque diminuía día a día, perdendo as súas árbores abatidas como un exército perde os seus soldados.

Renardet xa non saía de alí; alí ficaba da mañá á noite, contemplando, inmóbil e coas mans no lombo, a morte lenta do seu arboredo. Cando caía unha árbore, pousáballe o pé encima, coma sobre un cadáver. Logo alzaba os ollos cara á seguinte cunha especie de impaciencia secreta e calma, coma se tivese agardado, desexado algunha cousa ó final daquela desfeita.

Entre tanto, aproximábanse ó lugar no que a pequena Roque fora encontrada. Alí chegaron por fin, un serán, á hora do solpor.

Como había pouca luz, estando o ceo cuberto, os leñadores quixeron interrompe-lo traballo, deixando para o día seguinte a caída dunha faia enorme, pero o amo opúxose e esixiu que naquel mesmo intre se podase e se abatese aquel coloso que dera sombra ó crime.

Cando o podador o deixou nu, terminou o seu arranxo de condenado, cando os leñadores lle minaron a base, cinco homes comezaron a tirar pola corda atada ó cumio.

A árbore resistiu; o seu poderoso tronco, aínda que tallado ata o medio, estaba ríxido coma ferro. Os obreiros, todos xuntos, cunha especie de salto regular, tensaban a corda deitándose ata o chan, e lanzaban un berro gutural afogado que mostraba e regulaba o seu esforzo.

Dous leñadores, de pé contra o xigante, permanecían coa macheta na man, coma dous verdugos dispostos a seguir petando e Renardet, inmóbil, coa man na cortiza, esperaba a caída cunha emoción inquieta e nerviosa.

Un dos homes díxolle :

—Está vostede demasiado cerca, señor alcalde; cando caia poderíao mancar.

El, nin respondeu nin retrocedeu; semellaba disposto a agarrar el mesmo cos dous brazos a faia para abatela coma un loitador.

Houbo, de súpeto, no pé da alta columna de madeira, unha esgazadura que pareceu correr ata o cumio coma unha sacudida dolorosa; e inclinouse un pouco, disposta a caer, pero resistindo aínda. Os homes, excitados, tensaron os brazos, fixeron un esforzo maior; e, segundo a árbore partía, conforme se se derrubaba, de pronto Renardet deu un paso adiante e despois detívose, cos ombros erguidos para recibi-lo choque irresistible, o choque mortal que o esmagaría contra o chan.

Pero a faia, desviándose un pouco, unicamente lle rozou os cadrís, tirándoo de bruzos a cinco metros de alí.

Os obreiros correron a levantalo; xa se puxera el mesmo de xeonllos, atordado, cos ollos extraviados e pasaba a man pola fronte, coma se espertase dun acceso de loucura.

Unha vez que se volveu poñer de pé, os homes, sorprendidos, interrogárono, non comprendendo o que fixera. Respondeu, balbucindo, que tivera un momento de desvarío, ou, máis ben, un segundo de retorno á infancia, que imaxinara ter tempo de pasar por debaixo da árbore, coma os cativos cando pasan correndo diante das carruaxes ó trote, que xogara co perigo, que había oito días que sentía esa necesidade medrar dentro del, preguntándose, cada vez que unha árbore renxía, se podería un pasar por debaixo sen ser tocado. Era unha parvada, confesábao; pero todo o mundo ten deses minutos de insania e desas tentacións dunha estupidez pueril.

Explicábase lentamente, buscando as palabras, coa voz xorda; despois marchou dicindo:

—Ata mañá, amigos, ata mañá.

En canto regresou ó seu cuarto, sentou ante a mesa, que a lámpada, cuberta cunha pantalla, iluminaba vivamente e, collendo a fronte entre as mans, botou a chorar.

Chorou moito, logo enxugou os ollos, alzou a cabeza e ollou para o reloxo de péndulo. Aínda non eran as seis. Pensou: "Teño tempo antes de cear", e foi cerra-la porta con chave. Volveu entón sentar ante a mesa; abriu a gabeta do medio, colleu un revólver e pousouno sobre os seus papeis, a plena luz. O aceiro da arma brillaba, lanzaba reflexos semellantes a lapas.

Renardet contemplouno algún tempo coa ollada turbia dun home borracho; despois ergueuse e púxose a andar.

Ía dun cabo ó outro da estancia e de cando en cando paraba para recomezar ó instante. De repente, abriu a porta do seu cuarto de baño, empapou unha toalla no cántaro da auga e mollou a fronte, como fixera a mañá do crime. Logo reiniciou a andaina. Cada vez que pasaba por diante da mesa, a arma brillante atraía a súa mirada, solicitaba a súa man; pero el espreitaba o reloxo e pensaba: "Aínda teño tempo."

Deron as seis e media. Entón colleu o revólver, abriu completamente a boca e introduciu o canón moi dentro coma se o quixese tragar. Permaneceu así uns segundos, inmóbil, co dedo no gatillo, despois, vivamente sobresaltado por un estremecemento de horror, cuspiu a pistola na alfombra.

E volveu caer na butaca saloucando:

—Non podo. ¡Non me atrevo! ¡Meu Deus! ¡Meu Deus! ¡Como farei para te-lo valor de matarme!

Chamaban á porta; levantouse enlouquecido. Un criado dicía:

—A cea do señor está lista.

El respondeu:

—Está ben. Xa baixo.

Entón recolleu a arma, gardouna de novo na gabeta, logo mirouse no espello da cheminea para ver se a súa cara non lle parecía demasiado convulsa. Estaba colorado, coma sempre, un pouco máis colorado, se cadra. Iso era todo. Baixou e púxose á mesa.

Comeu lentamente, coma quen quere prolonga-la comida, e non quere volverse atopar só consigo mesmo. Despois fumou varias pipas na sala mentres recollían a mesa. Logo subiu outra vez ó seu cuarto.

Des que se encerrou alí, mirou debaixo da cama, abriu tódolos armarios, explorou tódolos recantos, rexistrou tódolos mobles. A continuación acendeu as candeas da cheminea e, xirando varias veces sobre si mesmo, percorreu coa vista toda a estancia, cunha angustia aterradora que lle crispaba a faciana, pois ben sabía que a ía ver, coma tódalas noites, á pequena Roque, a nena que el violara e despois esganara.

Tódalas noites, a odiosa visión recomezaba. Ó principio era unha especie de rumor nos seus oídos, coma o ruído dunha máquina de mallar ou o paso afastado dun tren por unha ponte. Entón comezaba a alasar, a abafar e tiña que desabotoa-lo colo da camisa e mailo cinto. Andaba para facer circula-lo sangue, intentaba ler, intentaba cantar; era en balde; o seu pensamento, a pesar seu, retornaba ó día do crime e facíallo volver empezar nos detalles máis secretos, con tódalas súas máis violentas emocións desde o primeiro minuto ata o último.

Aquela mañá, a mañá do horrible día, sentira ó erguerse algo de atordamento e de xaqueca que atribuíu á calor, de maneira que quedara no seu cuarto ata a chamada do xantar. Despois da comida, durmira a sesta; logo saíra, contra a caída da tarde, para respira-la brisa fresca e calmante baixo as árbores do seu bosque.

Pero, des que estivo fóra, o aire pesado e ardente da chaira oprimiuno aínda máis. O sol, aínda alto no ceo, vertía sobre a terra calcinada, seca e sedenta, ondadas de luz ardente. Nin o máis mínimo sopro de vento movía as follas. Tódolos bichos, os paxaros, os propios saltóns calaban. Renardet acadou as grandes árbores e botou a andar polo brión onde o Brindille achegaba un pouco de frescor baixo o inmenso teito de ramas. Pero sentíase incómodo. Parecíalle que unha man descoñecida, invisible, lle apertaba o pescozo e non pensaba case en nada, tendo comunmente poucos pensamentos na cabeza. Só unha vaga idea o obsesionaba dende había tres meses, a idea de volver casar. Sufría por vivir só, sufría moralmente e fisicamente. Habituado desde había dez anos a sentir unha muller preto del, acostumado á súa presencia de tódolos instantes, ó seu abrazo cotiá, sentía a necesidade, unha necesidade imperiosa e confusa do seu contacto incesante e do seu bico regular. Desde a morte da señora Renardet, sufría sen cesar, sen comprender moi ben por qué, sufría por non sentir xa o vestido dela roza-las súas pernas todo o día, e por non poder calmar e debilitarse entre os seus brazos, sobre todo. Levaba viúvo a penas seis meses e xa buscaba nos arredores qué moza ou que viúva podería desposar cando rematase o loito.

Tiña unha alma casta, pero aloxada nun corpo poderoso de Hércules e imaxes carnais comezaban a turba-lo seu sono e a súa vixilia. Expulsábaas; volvían; e murmuraba por momentos, rindo de si mesmo:

—Agora estou coma santo Antón.

Despois de ter aquela mesma mañá varias desas visións obsesivas, sentiu o desexo de repente de se bañar no Brindille para refrescarse e encalma-lo ardor do seu sangue.

Coñecía un pouco máis lonxe un lugar ancho e fondo onde a xente da rexión se viña bañar ás veces, no verán. Para aló foi.

Uns salgueiros mestos ocultaban a balsa clara onde a corrente se remansaba, adurmiñábase un algo antes de continuar. Renardet, ó aproximarse, creu oír un lixeiro ruído, un feble batuxar que non era o do río nas beiras. Apartou suavemente as follas e mirou. Unha mociña toda espida, toda branca a través da onda transparente, batía na auga coas dúas mans, bailando un pouco alí dentro, e xirando sobre si mesma con xentís ademáns. Xa non era unha nena, aínda non era tampouco unha muller: estaba chea e formada, sen deixar de conservar un aire de meniña precoz que medrara axiña, case madura. El xa non se movía, paralizado de sorpresa, de angustia, co alento cortado por unha emoción estraña e punzante. Permanecía alí, co corazón batendo coma se un dos seus soños sensuais acabase de realizarse, coma se unha fada impura fixese aparecer ante el aquel ser turbador e demasiado novo, aquela pequena Venus campesiña, nacida nas burbullas do regatiño, coma a outra, a grande, nas ondas do mar.

De pronto, a nena saíu do baño e, sen velo, foi cara a el para colle-la súa roupa e vestirse de novo. A medida que se aproximaba a pasiños vacilantes por temor ós coios afiados, el sentíase empurrado cara a ela por unha forza irresistible, por un arrebato bestial que excitaba toda a súa carne, enlouquecía a súa alma e facíao tremer de pés á cabeza.

Ela quedou de pé, uns segundos, detrás do salgueiro que a ocultaba. Entón, perdendo toda a razón, el apartou as ramas, abalanzouse sobre ela e colleuna entre os brazos. Ela caeu, demasiado asustada para resistir, demasiado espantada para chamar, e el posuíuna sen comprende-lo que facía.

Espertou do seu crime coma quen esperta dun pesadelo. A nena comezaba a chorar.

El dixo:

—Cala, cala xa. Heiche dar diñeiro.

Pero ela non escoitaba; saloucaba.

El proseguiu:

—Pero cala xa. Cala xa. Cala dunha vez.

Ela berrou retorcéndose para escapar.

El comprendeu bruscamente que estaba perdido; e agarrouna polo colo para deter na súa boca aqueles clamores desgarrados e terribles. Como ela continuaba a debaterse coa forza exasperada dun ser que quere fuxir da morte, el pechou as súas mans de coloso sobre a pequena gorxa inchada de berros e tan furiosamente apertaba que a esganou nuns instantes, sen pensar en matala, senón só para facela calar.

Despois ergueuse, enlouquecido de horror.

Ela xacía diante del, ensanguentada e coa cara negra. Ía escapar cando xurdiu na súa alma trastornada o instinto misterioso e confuso que guía a tódolos seres en perigo.

Estivo a piques de bota-lo corpo á auga: pero outro impulso empuxouno cara ás roupas coas que fixo un pequeno paquete. Entón, como levaba corda no peto, atouno e escondeuno nun burato fondo do río, baixo un tronco de árbore que bañaba o seu pé no Brindille.

Logo marchou, a grandes alancadas, acadou as praderías, deu un rodeo inmenso para que o visen uns labregos que vivían moi lonxe de alí, do outro lado da poboación e regresou para cear á hora de sempre contando ós seus criados todo o percorrido do seu paseo.

Con todo, aquela noite durmiu; durmiu cun sono pesado de animal, como deben durmir ás veces os condenados a morte. Só abriu os ollos ós primeiros resplandores do día, e agardou, torturado polo medo, o descubrimento da malfeitoría, a hora ordinaria do seu acordar.

Máis tarde tivo que asistir a tódalas dilixencias. Fíxoo coma un somnámbulo, nunha alucinación que lle mostraba as cousas e os homes a través dunha especie de soño, nunha nube de embriaguez, nesa dúbida de irrealidade que trastorna o espírito nas horas das grandes catástrofes.

Soamente o berro esgazado da Roque lle atravesou o corazón. Nese intre estivo a piques de se botar de xeonllos ante a vella muller berrando:

—Fun eu.

Pero contívose. Nembargantes, durante a noite, foi sacar da auga as zocas da morta, para levalas ante o limiar da súa nai.

Namentres que durou a investigación, namentres que tivo que guiar e despistar á xustiza, estivo tranquilo, dono de si, astuto e risoño. Discutía sosegadamente cos maxistrados tódalas suposicións que lles pasaban polo maxín, refutaba as súas opinións, demolía os seus razoamentos. Mesmo sentía un pracer, acre e doloroso en estorba-las súas pescudas, en embrolla-las súas ideas, dando por inocentes os que eles crían sospeitosos.

Pero a partir do día en que as investigacións foron abandonadas foise poñendo cada vez máis nervioso, máis excitable aínda que antes, se ben dominaba as súas cóleras. Os ruídos repentinos facíano saltar de medo; estremecíase pola máis mínima cousa, sobresaltábase ás veces dos pés á cabeza cando unha mosca se lle pousaba na fronte. Entón invadiuno unha necesidade imperiosa de movemento, forzouno a carreiras prodixiosas, mantívoo de pé noites enteiras, camiñando polo cuarto.

Non era que se sentise acosado polos remordementos. A súa natureza brutal non se prestaba a ningún matiz de sentimento ou de temor moral. Home enérxico e mesmo violento, nado para face-la guerra, arrasa-los países conquistados e mata-los vencidos, cheo de instintos salvaxes de cazador e de loitador, a vida humana a penas contaba nada para el. Aínda que respectase a Igrexa, por política, non cría nin en Deus nin no demo, non esperando, en consecuencia, noutra vida, nin castigo nin recompensa polos seus actos nesta. Tiña, por toda crenza, unha vaga filosofía composta de tódalas ideas dos enciclopedistas do século anterior; e consideraba a relixión como unha sanción moral da lei, unha e outra inventadas polos homes para regula-las relacións sociais.

Matar alguén nun duelo, ou na guerra, ou nunha querela, ou por accidente, ou por vinganza, ou incluso por fachenda, habíalle parecer unha cousa divertida e valorosa e non lle deixaría no espírito máis pegada có tiro disparado contra unha lebre; con todo, sentira unha emoción profunda co asasinato daquela nena. Cometérao, ó primeiro, na tolemia dunha embriaguez irresistible, nunha especie de tempestade sensual que lle levara a razón. E gardara no corazón, gardara na carne, gardara nos beizos, gardara ata nos seus dedos de asasino unha especie de amor bestial, ó mesmo tempo que un horror espantado por aquela mociña sorprendida por el e covardemente asasinada. En todo momento o seu pensamento volvía a aquela escena horrible; e aínda que se esforzase por afastar aquela imaxe, por máis que a apartase con terror, con noxo, sentíaa vagar polo seu espírito, xirar arredor del, esperando sen tregua o momento de reaparecer.

Entón tivo medo dos seráns, medo da sombra caendo arredor del. Aínda non sabía por qué as tebras lle parecían estarrecedoras pero temíaas instintivamente; sentíaas poboadas de terrores. A luz do día non se presta ó medo. Vense as cousas e os seres, así só se atopan nela as cousas e os seres naturais que se poden mostrar na claridade. Pero a noite, a noite opaca, máis espesa cás murallas, e baleira, a noite infinita, tan negra, tan vasta, na que se poden rozar cousas espantosas, a noite onde se sente errar, vaga-lo pavor misterioso, parecíalle esconder un perigo descoñecido, próximo e ameazante. ¿Cal?

Axiña o soubo. Estando na súa butaca, bastante tarde unha noite que non durmía, pareceulle ver moverse a cortina da ventá. Agardou, inquieto, co corazón a bater; a cortina xa non se movía; logo, de pronto, axitouse de novo, polo menos el pensou que se axitaba. Non se atrevía a levantarse, non se atrevía a respirar; e, sen embargo, era valente, pelexara a miúdo e habíalle gustar descubrir ladróns na súa casa.

¿Era certo que se movía, aquela cortina? El facíase esta pregunta, temendo que os seus ollos o confundisen. Era tan pouca cousa, por outra banda, un lixeiro estremecemento da tea, unha especie de tremor dos pregues, a penas unha ondulación coma a que produce o vento. Renardet permanecía cos ollos fixos, o pescozo tenso e, de repente, ergueuse, avergoñado do seu medo, deu catro pasos, colleu a tea coas dúas mans e abriuna completamente. Ó primeiro non viu nada máis cós vidros negros, negros coma placas de tinta brillante. A noite, a gran noite impenetrable, estendíase por detrás ata o invisible horizonte. El estaba de pé fronte a aquela sombra sen límites; e, de golpe albiscou un resplandor, un resplandor móbil que semellaba afastado. Entón achegou a cara ó cristal, pensando que un pescador furtivo andaba seguramente ós cangrexos polo Brindille, pois era máis da media noite, e aquela luz arrastrábase á beira da auga, no arboredo. Como aínda non se distinguía ben, Renardet rodeou os ollos coas mans, e aquela luz, de pronto, transformouse nunha claridade e viu a pequena Roque núa e sangrando no brión.

Retrocedeu crispado de horror, bateu co asento e caeu de costas. Quedou así algúns minutos coa desesperación na alma, logo sentou e púxose a pensar. Tivera unha alucinación, iso era todo; unha alucinación causada por un vagabundo nocturno que andaba a carón da auga co seu farol. ¿Que había de sorprendente, ademais, en que a lembranza do seu crime lle provocase, ás veces, a visión da morta?

Levantouse e bebeu un vaso de auga, despois sentou. Cavilaba: "¿Que vou facer se isto volve empezar?" E aquilo ía recomezar, sentíao, estaba seguro. Xa a ventá solicitaba a súa mirada, chamábao, atraíao. Para non a ver, revirou a cadeira; logo colleu un libro e intentou ler; pero axiña lle pareceu que algo se axitaba detrás del e deulle rapidamente a volta ó asento sobre unha pata. A cortina movíase de novo; certamente, movérase, desta vez; xa non cabía dúbida, lanzouse e agarrouna cunha man tan brutal que a botou ó chan coa súa galería, logo pegou avidamente a cara contra o cristal. Non viu nada. Todo estaba negro no exterior; e respirou coa ledicia dun home ó que lle acaban de salva-la vida.

Así que, volveu sentar; pero case inmediatamente volveuno asalta-lo desexo de mirar de novo pola ventá. Desde que caera a cortina, esta facía unha especie de burato negro atraínte, temible, sobre o campo escuro. Para non ceder a esta perigosa tentación, espiuse, soprou as candeas, deitouse e pechou os ollos.

Inmóbil, de costas, coa pel quente e húmida, agardaba polo sono. Unha gran luz atravesoulle de pronto as pálpebras. Abriunas crendo a súa casa en chamas. Todo estaba escuro, e apoiouse nun cóbado para tratar de distingui-la ventá que o seguía atraendo, invenciblemente. Á forza de intentar ver, albiscou algunhas estrelas; e ergueuse, atravesou o cuarto ás apalpadelas, atopou os vidros coas mans estendidas, aplicou a fronte encima. ¡Aló, baixo as árbores, o corpo da mociña lucía coma fósforo, iluminando a sombra arredor del!

Renardet deu un berro e escapou cara ó leito onde permaneceu ata a mañá, coa cabeza oculta baixo a almofada.

A partir dese momento, a súa vida tornouse intolerable. Pasaba os días no terror das noites; e, cada noite, a visión recomezaba. Mal se pechaba no cuarto, intentaba loitar, pero en van. Unha forza irresistible levantábao e empuxábao ó vidro, como para invoca-lo fantasma, e de seguida o vía, primeiro deitado no lugar do crime, deitado cos brazos abertos, as pernas abertas, tal como fora encontrado o corpo. Despois a morta levantábase e viña, a pasiños, así como fixera a nena ó saír do río. Viña, moi de vagar, en liña recta pasando sobre o céspede e sobre o macizo de flores secas; despois elevábase no ar, cara á ventá de Renardet. Viña cara a el, como viñera o día do crime, cara ó asasino. E o home retrocedía ante a aparición, retrocedía ata o seu leito e deixábase caer encima, sabendo ben que a pequena entrara e que estaba agora detrás da cortina que axiña se ía mover. E, ata o día, miraba para ela, para aquela cortina, cos ollos fixos, esperando sen cesar ver saí-la súa víctima. Pero ela xa non se amosaba; quedaba alí, baixo a tea axitada ás veces por un tremor. E Renardet, cos dedos crispados sobre as sabas, apertábaos así como apertara a gorxa da pequena Roque. Oía da-las horas; oía bater no silencio o péndulo do reloxo e os golpes profundos do seu corazón. E sufría, o miserable, máis do que ningún home sufrira endexamais.

Despois, des que aparecía unha liña branca no teito, anunciando o día xa próximo, sentíase liberado, só por fin, só no seu cuarto; e recaía no leito. Entón durmía algunhas horas, cun sono inquedo e febril, no que volvía empezar a miúdo, en soños, a espantosa visión das súas vixilias.

Cando baixaba, máis tarde, para o xantar do mediodía, sentíase adoecido de maniotas coma despois de facer prodixiosos esforzos; e case non comía, sempre obsesionado polo temor daquela que volvería ver á noite seguinte.

Nembargantes, ben sabía el que non era unha aparición, que os mortos non volven, e que a súa alma doente, a súa alma ofuscada por un só pensamento, por unha lembranza inesquecible, era a única causa do seu suplicio, a única evocadora da morta resucitada por ela, chamada por ela e presentada tamén por ela ante os seus ollos onde permanecía impresa a imaxe indeleble. Pero tamén sabía que non ía sandar, que non escaparía xamais á persecución salvaxe da súa memoria; e resolveu morrer, antes que soportar por máis tempo aquelas torturas.

Entón pensou en cómo se había matar. Quería algo sinxelo e natural, que non deixase crer nun suicidio. Pois tiña en moito a súa reputación, o apelido legado por seus pais; e, de se sospeita-la causa da súa morte, sen dúbida habían pensar no crime inexplicado, no asasino que non se encontrara e non habían tardar en acusalo do delicto.

Ocorréraselle unha idea estraña, a de que o esmagase a árbore ó pé da cal asasinara a pequena Roque. Así que decidiu mandar corta-lo seu arboredo, e simular un accidente. Mais a faia negouse a partirlle os riles.

De volta na casa, presa dunha desesperación louca, collera o revólver, e logo non ousara disparar.

Soou a hora da cea, comera e logo volvera subir. E non sabía qué facer. Sentíase covarde agora que escapara unha primeira vez. Un pouco antes estaba preparado, forte, decidido, dono do seu valor e da súa resolución; neste momento, era débil e tiña medo da morte, tanto como da morta.

Balbucía: "Non me vou atrever, xa non me vou atrever"; e miraba con terror, ora a arma sobre a mesa, ora a cortina que ocultaba a ventá. ¡Tamén lle parecía que algo horrible tería lugar en canto a súa vida cesase! ¿Algo? ¿O que? ¿O encontro con ela, quizá? Ela axexábao, agardábao, chamábao, e era para apoderarse del, á súa vez, para atraelo cara á súa vinganza e decidilo a morrer, polo que se mostraba así tódalas noites.

Rompeu a chorar coma un neno, repetindo : "Non me vou atrever, xa non me vou atrever." Despois caeu de xeonllos e balbuciu: "¡Meu Deus, meu Deus!" Sen crer en Deus, sen embargo. E xa non se atrevía, en efecto, a mirar á ventá onde sabía que se anicaba a súa aparición, nin á mesa onde brillaba o seu revólver.

Cando se levantou dixo en voz alta : "Isto non pode seguir así, cómpre rematar." O son da súa voz no cuarto silencioso provocoulle un estremecemento de medo ó longo de tódolos membros; mais, como non se decidía a tomar ningunha resolución; como sentía que o dedo da súa man se negaría sempre aperta-lo gatillo da arma, volveu agocha-la cabeza baixo das mantas do leito, e reflexionou.

Tiña que atopar algo que o forzase a morrer, inventar algún truco contra si mesmo que non lle deixase lugar a ningunha vacilación, a ningún atraso, a ningún arrepentimento posibles. Envexaba os condenados que levan ó cadafalso entre soldados. ¡Ai!, se el puidese pedirlle a alguén que disparase; se puidese, confesando o estado da súa alma, confesando o seu crime a un amigo seguro que non o divulgase xamais, obter del a morte. Pero, ¿a quen lle ía pedir ese terrible favor? ¿A quen? Buscaba entre a xente que coñecía. ¿Ó médico? Non. Contaríao máis tarde, sen dúbida. E, de pronto, un pensamento estraño atravesoulle o maxín. Íalle escribir ó xuíz de instrucción, que era amigo íntimo, para se denunciar a si mesmo. Diríalle todo naquela carta, o crime e as torturas que soportaba, e a súa resolución de morrer, e as súas dúbidas e o medio que empregaba para forza-lo seu valor, que desfalecía. Suplicaríalle, en nome da súa vella amizade, que destruíse a súa carta en canto soubese que o culpable se fixera xustiza. Renardet podía contar con aquel maxistrado, sabía que era seguro, discreto, incluso incapaz dunha palabra lixeira. Era un dese homes que teñen unha conciencia inflexible, gobernada, dirixida, regulada só pola razón.

Mal formara este proxecto, cando unha ledicia estraña lle invadiu o corazón. Agora estaba tranquilo. Ía escribi-la carta, de vagar, despois, ó raia-lo día, botaríaa no caixa de correos cravada na parede da súa granxa, logo subiría á torre para ver chega-lo carteiro, e cando o home da blusa azul se fose, el tiraríase de cabeza ás rocas sobre as que se apoiaban os cimentos. Procuraría que o visen primeiro os obreiros que abatían o seu bosque. Entón treparía ó chanzo saínte que soportaba o mastro da bandeira despregada os días de festa. Partiría ese mastro dun empurrón e precipitaríase con el. ¿Como dubidar dun accidente? E mataríase no acto, dados o seu peso e a altura da torre.

Saíu inmediatamente do leito, foi á mesa e púxose a escribir; non esqueceu nada, nin un detalle do crime, nin un detalle da súa vida de angustias, nin un detalle das torturas do seu corazón, e rematou anunciando que se condenara el mesmo, que ía executa-lo criminal, e rogáballe ó seu amigo, ó seu vello amigo, que velase por que xamais se acusase a súa memoria.

En rematando a carta, decatouse de que xa era día. Cerrouna, selouna, escribiu o enderezo, despois baixou a pasos lixeiros, correu ata a pequena caixa de correos branca pegada á parede, na esquina da granxa e logo de botar dentro aquel papel que lle queimaba a man, regresou rápido, pasou os ferrollos da porta principal e subiu á súa torre para espera-lo paso do peón que levaría a súa condena de morte.

¡Agora, sentíase calmado, liberado, salvado!

Un vento frío, seco, un vento glacial pasáballe pola cara. Aspirábao avidamente, coa boca aberta, bebendo a súa caricia xeada. O ceo estaba vermello, dun vermello ardente, dun vermello de inverno e toda a chaira branca de carazo brillaba baixo os primeiros raios do sol, coma se estivese salferida de cristal moído. Renardet, de pé, coa cabeza descuberta, observaba a vasta rexión, as praderías á esquerda, á dereita o pobo coas chemineas comezando a fumegar para face-lo almorzo.

Ó seus pés vía fluí-lo Brindille, nas rochas onde el se esmagaría en seguida. Sentíase renacer naquela fermosa aurora xeada, e cheo de forza, cheo de vida. A luz bañábao, rodeábao, penetrábao coma unha esperanza. Asaltárono mil lembranzas, lembranzas de mañás semellantes, de marcha rápida pola terra dura que resoaba cos pasos, de cacerías felices á beira dos estanques onde dormen os patos salvaxes. Tódalas cousas boas que amaba, as cousas boas da existencia, acudían ó seu recordo, esporeábano de desexos novos, espertaban tódolos apetitos vigorosos do seu corpo activo e poderoso.

¿E ía morrer? ¿Por que? ¿Íase matar de pronto porque tiña medo dunha sombra? ¿Medo de nada? ¡Era rico e novo aínda! ¡Que loucura! ¡Pero se lle abondaba cunha distracción, cunha ausencia, cunha viaxe para esquecer! Esa mesma noite, non a vira, a nena, porque o seu pensamento, preocupado, entretivérase noutra cousa. ¡Se cadra non a volvía ver máis! E se ela o asediaba naquela casa, ¡certamente non o ía seguir a outra parte!, ¡a terra era grande e o futuro longo! ¿Por que morrer?

A súa ollada erraba polas praderías, e albiscou unha mancha azul no carreiro ó longo do Brindille. Era Médéric que viña trae-las cartas da vila e leva-las da aldea.

Renardet tivo un sobresalto, unha sensación de dor atravesouno, lanzouse pola escaleira de caracol para recupera-la carta, para reclamarlla ó carteiro. Pouco lle importaba que o visen, agora; corría pola herba onde escumaba o xeo lixeiro das noites, e chegou onda a caixa de correos, na esquina da granxa, xusto ó mesmo tempo có peón.

O home abrira a portiña de madeira e collía os poucos papeis depositados alí polos habitantes do poboado.

Renardet díxolle:

—Bos días, Médéric.

—Bos días siñor alcalde.

—Escoite, Médéric, botei na caixa de correos unha carta que necesito. Véñolle pedir que ma devolva.

—Tá ben, siñor alcalde, devolveráselle.

E o carteiro levantou os ollos. Quedou abraiado ante a cara de Renardet; tiña as fazulas violeta, a mirada turbia, cercada de negro, como afundida na cabeza, os cabelos en desorde, a barba revolta, a gravata desanoada. Era visible que non se deitara.

O home preguntou:

—¿E logo está enfermo ou, siñor alcalde?

O outro, comprendendo de pronto que o seu aspecto debía ser estraño, perdeu a seguridade, e balbuciu:

—Non... non... Só que saltei do leito para lle pedir esta carta... Estaba durmindo... ¿Comprende?...

Unha vaga sospeita pasou polo espírito do antigo soldado.

Repuxo:

—¿Que carta?

—A que me vai devolver.

Agora, Médéric dubidaba, a actitude do alcalde non lle parecía natural. Tal vez había un segredo naquela carta, un segredo da política. Sabía que Renardet non era republicano e coñecía tódalas argucias e tódalas andrómenas que se empregan nas eleccións.

Preguntou:

—¿A quen vai dirixida, esa carta?

—Ó señor Putoin, o xuíz de instrucción; xa sabe, ¡o señor Putoin, o meu amigo!

O peón buscou entre os seus papeis e atopou o que lle reclamaban. Entón púxose a miralo, dándolle unha volta e outra entre os dedos, moi perplexo, moi perturbado co temor de cometer unha falta grave ou de poñerse a mal co alcalde.

Vendo as súas dúbidas, Renardet fixo un movemento para asi-la carta e arrincarlla das mans. Este ademán brusco convenceu a Médéric de que se trataba dun misterio importante e decidiuno a cumprir co seu deber custase o que custase.

Botou o sobre na saca e pechou esta respondendo:

—Non, non podo, siñor alcalde. Como ía para a xustiza, non podo.

Unha angustia horrorosa oprimiu o corazón de Renardet que balbuciu:

—Pero, vostede coñéceme ben. Mesmo pode recoñece-la miña letra. Dígolle que necesito ese papel.

—Non podo.

—Veña, Médéric, vostede sabe que son incapaz de enganalo, dígolle que a necesito.

—Non. Non podo.

Un estremecemento de cólera pasou pola alma violenta de Renardet.

—Pero, carafio, teña coidado. Xa sabe que eu non ando con bromas, e que o podo facer botar do seu posto, meu homiño, e voando, ademais. A parte disto, eu son o alcalde do pobo, despois de todo; agora ordénolle que me devolva ese papel.

O peón respondeu con firmeza:

—Non. ¡Non podo siñor alcalde!

Entón Renardet, perdendo a cabeza, agarrouno polos brazos para lle quita-la saca; pero o home soltouse cunha sacudida e, retrocedendo, levantou o groso bastón de acevo. Pronunciou, sempre tranquilo:

—¡Oh!, non me toque, siñor alcalde, ou doulle. Teña coidado. ¡Eu cumpro co meu deber!

Sentíndose perdido, Renardet, repentinamente, tornouse humilde, doce, implorando coma un neno que chora:

—Veña, veña, amigo, devólvame esa carta, eu heino recompensar, heille dar cen francos, ¿oíu?, cen francos.

O home volveulle as costas e púxose en ruta.

Renardet seguiuno, alasando, balbucindo:

—Médéric, Médéric, escoite ho, doulle mil francos, ¿oíu?, mil francos.

O outro seguía a andar, sen responder. Renardet continuou:

—Fareino rico...¿oíu?... o que queira... Cincuenta mil francos... por esa carta... ¿A vostede que máis lle ten?... ¿Non quere? Ben, pois cen mil... ¿oíu?... cen mil francos... ¿comprende?... cen mil francos... cen mil francos.

O carteiro deu a volta, co rostro duro, a mirada severa:

—Xa abonda, ou cóntolle á xustiza o que me acaba de dicire.

Renardet parou en seco. Acabárase. Xa non había esperanza. Deu volta e fuxiu cara á súa casa, galopando coma unha besta perseguida.

Entón Médéric tamén se detivo e observou aquela fuxida con estupefacción. Viu o alcalde entrar na casa e aínda agardou coma se algo sorprendente non puidese deixar de ocorrer.

Axiña, en efecto, a alta estatura de Renardet apareceu no cumio da torre do Renard. Corría pola terraza coma un tolo; despois colleu o mastro da bandeira e abaneouno con furia sen conseguir partilo; logo, de pronto, coma un nadador que se lanza de cabeza, tirouse ó baleiro, coas dúas mans cara a adiante.

Médéric botou a correr para auxilialo. Ó atravesa-lo parque, viu os leñadores que ían ó seu traballo. Berroulles, para avisalos do accidente; e atoparon ó pé dos muros un corpo ensanguentado, a cabeza do cal se esmagara contra unha rocha. O Brindille rodeaba aquela rocha e nas súas augas, que se ancheaban naquel lugar, claras e tranquilas, víase correr un longo fío rosa de miolos e de sangue mesturados.

 

 

 

Santo Antón

 

A X. Charmes

 

Chamábanlle Santo Antón porque o seu nome era Antón, e quizá tamén porque lle gustaba vivir ben, era algareiro, leriante, bo comedor e gran bebedor, e vigoroso perseguidor de criadas, aínda que tivese máis de sesenta anos.

Era un campesiño alto da comarca de Caux, moi colorado, de groso ventre e costas anchas, empoleirado sobre unhas longas pernas que semellaban demasiado delgadas para a amplitude do corpo.

Viúvo, vivía só coa criada e con dous mozos na súa casa de labor que dirixía coma un tipo raposeiro, coidadoso cos seus intereses, moi entendido nos negocios e na crianza do gando, e no cultivo das terras. Os seus dous fillos e as súas tres fillas, casados avantaxadamente, vivían no contorno e ían, unha vez ó mes, cear co pai. A súa forza era célebre en toda a comarca circundante; dicíase a modo de proverbio: "É forte coma Santo Antón."

Cando chegou a invasión prusiana, Santo Antón, na taberna, prometía comer un exército, pois era lingoreteiro coma bo normando, un pouco covarde e fanfurriñeiro. Petaba co puño na mesa de madeira, que saltaba facendo danza-las cuncas e as copas, e berraba, coa cara vermella e a ollada retranqueira, cunha falsa cólera de brincador: "Terei que comelos, ¡maldita sexa!" Contaba con que os prusianos non chegasen ata Tanneville; pero cando soubo que xa estaban en Rautôt, non saíu máis da casa e asexaba sen cesar o camiño polo ventano da cociña, esperando a cada momento ver pasa-las baionetas.

Unha mañá, mentres comía o caldo cos criados, abriuse a porta, e apareceu o alcalde da vila, o señor Chicot, seguido dun soldado cuberto cun casco negro coa punta de cobre. Santo Antón ergueuse dun chimpo; e toda a súa xente ollaba para el, esperando velo esnaquiza-lo prusiano; pero el limitouse a aperta-la man do alcalde que lle dixo:

—Eí tes un pa ti, Santo Antón. Chegaron esta noite. Sobre todo non fagas toleadas, porque falan de afusilar e de queimar todo á mínima. Quedas avisado. Dálle de comere, parece un bo rapaz. Adeus, vou ondós outros. Hai pa todos.

E saíu.

O tío Antón, agora pálido, mirou para o seu prusiano. Era un gordo mozo coas carnes graxas e brancas, ollos azuis, pelo louro, barba ata os pómulos, que parecía idiota, tímido e bonachón. O malicioso normando calouno de inmediato e, tranquilizado, fíxolle un aceno para que sentase. Despois preguntoulle:

—¿Quere caldo?

O estranxeiro non entendeu. Daquela, Antón tivo un risco de audacia e, poñéndolle nos fociños un prato cheo, dixo:

—Toma, traga isto, porcallán.

O soldado respondeu:

—Ía

E púxose a comer con ansia mentres que o labrego triunfante, sentindo que reconquistara a súa reputación, chiscáballe-lo ollo ós seus serventes que xesticulaban estrañamente, xa que tiñan a un tempo moito medo e gana de rir.

Cando o prusiano rematou de enguli-la ración, Santo Antón serviulle outra que el fixo desaparecer igualmente; pero botouse atrás ante a terceira que o labrego lle quería facer comer á forza, repetindo:

—Veña, bota iso pa dentro. Has engordare ou heiche dar eu a ti, veña, meu porquiño.

E o soldado entendendo soamente que querían que comese ata fartarse, ría moi contento e indicaba por acenos que xa estaba cheo.

Entón Santo Antón, collendo moitas confianzas, petoulle no ventre berrando:

—¡Xa ten o bandullo ben cheo o meu porquiño!

Pero de repente retorceuse, colorado coma se lle dese un ataque, non podía nin falar. Ocorréraselle unha idea que o facía afogar coa risa.

—Iso é, iso é, Santo Antón e o seu porquiño. ¡Este é o meu porco!

E os tres criados escacharon a rir, eles tamén.

O vello estaba tan contento que mandou trae-la augardente, da boa, da máis forte, e invitou a todo o mundo. Brindaron co prusiano, que chascou a lingua adulador, para indicar que a atopaba exquisita. E Santo Antón berráballe nos fociños:

—É da boa ¿eh? Desta non a bebes no teu país, porco.

Desde aquela, o tío Antón xa non saíu sen o seu prusiano. Atopara a súa comenencia, era a súa vinganza propia, a súa vinganza de home arteiro. E toda a comarca, que morría co medo, esmendrellábase da risa, ás costas dos vencedores, coa chanza de Santo Antón. Verdadeiramente, nas bromas non tiña igual. Non había outro coma el para argallar cousas así. ¡Que diaño de home!

Tódolos días despois do xantar, ía ás casas dos veciños de ganchete co seu alemán que presentaba alegremente baténdolle no ombro:

—Este é o meu porco, ¡mirádeme se non me engorda, este animal!

E os paisanos deleitábanse.

–¡Que pavero é, este condanado do Antón!

—Véndocho, Césaire, dúas pistolas1.

—Cómprocho, Antón, e convídote a comere nas morcillas.

—Pero, a min gústanme máis as patas. Apálpalle eiqui a barriga, xa verás como non ten máis ca touciño.

E todo o mundo chiscaba os ollos sen rir moi alto, nembargantes, por medo a que o prusiano adiviñase finalmente que se burlaban del. Só Antón, encoraxándose máis cada día, era quen de beliscarlle as coxas berrando:

—Todo graxa

Petáballe no traseiro vociferando:

—Todo isto, roxóns.

Levantábao nos seus brazos de vello coloso capaz de levar unha bigornia, declarando:

—Pesa seiscentos e sen dispirdicio.

E collera o costume de facer que lle ofrecesen de comer ó seu porco por todas partes onde entraba con el. Ese era o gran pracer, a gran diversión de tódolos días:

—Dádelle o que queirades ho, traga todo.

E ofrecíanlle ó home pan e manteiga, patacas, guiso frío, e unha morcilla que lles facía dicir:

—É da súa propia, e da mellor.

O soldado, estúpido e doce, comía por educación, encantado con aquelas atencións, poñíase enfermo por non se negar; engordaba realmente, apertado no seu uniforme, cousa que encantaba a Santo Antón e facíalle repetir:

—Sabes, meu porquiño, vai haber que che facer outra gaiola.

Por outra parte, fixéranse os mellores amigos do mundo; e, cando o vello ía ós seus negocios no contorno, o prusiano acompañábao por iniciativa propia, polo só pracer de estar con el.

O tempo era rigoroso; xeaba duro; o terrible inverno de 1870 parecía lanzar tódalas pragas xuntas sobre Francia.

O tío Antón, que preparaba as cousas con moita antelación e aproveitaba as ocasións, previndo que lle ía faltar esterco para os labores da primavera, comprou o dun veciño que pasaba por un apuro; e acordaron que iría tódalas tardes, coa súa carreta, buscar unha carga de aquel.

Así que, cada día poñíase en marcha, contra a noite, e ía á granxa de Haules, a unha media legua de distancia, sempre acompañado polo seu porco. E cada día era unha festa alimenta-lo seu animal. Todo o pobo acudía alí, como se vai, o domingo, á misa.

O soldado, sen embargo, empezaba a desconfiar; e cando rían demasiado, remelaba uns ollos inquietos que se acendían por veces cunha chama de cólera.

Ora, unha noite, despois de come-lo que quixo, negouse a tragar un bocado máis; tratou de levantarse para marchar. Pero Santo Antón detívoo dun puñazo e, poñéndolle as súas poderosas mans nos ombros, volveuno sentar tan duramente que se esmagou a cadeira baixo do home.

Estalou unha ledicia tempestuosa; e Antón, radiante, recollendo o seu porco, fixo coma quen que o axudaba a recuperarse; logo declarou:

—¡Xa que non queres comer vas beber, maldita sexa!

E foron buscar augardente á taberna. O soldado botaba olladas malévolas: pero bebeu, con todo; bebeu todo o que quixeron; e Santo Antón agarráballe a cabeza, para grande alegría dos asistentes.

O normando, colorado coma un tomate, coa mirada ardente, enchía os vasos, brindaba berrando:

—¡Á túa saúde!

E o prusiano, sen pronunciar unha soa palabra, trasfegaba un tras doutro grolos de coñac.

¡Era unha loita, unha batalla, un desquite! A ver quen bebía máis, ¡recoiro! Xa non podían máis, nin un nin o outro, cando se acabou o litro. Pero ningún dos dous fora vencido. Quedaban empatados, iso era todo. ¡Habería que recomezar ó outro día!

Saíron vacilantes e puxéronse en marcha a carón da carreta de esterco que arrastraban lentamente dous cabalos.

Comezaba a cae-la neve, e a noite sen lúa iluminábase tristemente con aquela albura morta das chairas. O frío colleu ós dous homes, aumentando a súa borracheira, e Santo Antón descontento por non ter triunfado, divertíase a empurrar polo ombreiro o seu porco para que caese no foxo. O outro evitaba os ataques con retiradas; e, a cada vez, pronunciaba algunhas palabras alemanas cun ton irritado que facía rir ás gargalladas o paisano. Á fin, o prusiano anoxouse; e, xusto no momento en que Antón lle daba un novo empurrón, respondeulle cun puñazo terrible que fixo cambalea-lo coloso.

Entón, inflamado pola augardente, o vello agarrou o home cos dous brazos, abaneouno uns instantes como faría cun neno pequeno e tirouno polo aire ó outro lado do camiño. Despois, contento con aquela execución, cruzou os brazos para rir de novo.

Pero o soldado ergueuse vivamente, coa cabeza descuberta, pois caéralle o casco e, desenvaiñando o sabre, precipitouse sobre o tío Antón.

O paisano, cando viu aquilo, colleu o seu látego polo medio, un gran látego de acevo, teso, forte e lixeiro coma un nervio de boi.

O prusiano chegou, coa fronte baixa, a arma cara a adiante, seguro de matalo. Pero o vello, atrapando coa man aberta a folla, a punta da cal xa lle ía fura-lo ventre, apartouna e co puño do látego propinou un golpe seco na tempa ó seu inimigo que caeu abatido ós seus pés.

Despois, espantado, pampo de asombro, ollou para o corpo ó principio sacudido de espasmos, logo inmóbil sobre o ventre. Inclinouse, deulle a volta, observouno durante algún tempo. O home tiña os ollos pechados; e corríalle un fío de sangue dunha fenda nun canto da fronte. Malia a escuridade, o tío Antón distinguía a mancha parda dese sangue na neve.

Permanecía alí, perdendo a cabeza, mentres que a súa carreta seguía andando, ó paso tranquilo dos cabalos.

¿Que ía facer? ¡Fusilaríano! ¡Queimaríanlle a casa, arruinarían a aldea! ¿Que facer?, ¿que facer? ¿Como esconde-lo corpo, esconde-la morte, enganar ós prusianos? Oíu voces distantes, no gran silencio das neves. Entón, trastornouse e, recollendo o casco, volveullo poñer á súa víctima, logo, agarrándoo polos riles, levantouno, correu, alcanzou a xugada e lanzou o corpo sobre o esterco. Cando chegase á casa, xa vería que facía.

Ía de vagar, espremendo os miolos, sen dar discorrido nada. Víase, sentíase perdido. Entrou no curral. Brillaba unha luz nunha bufarda, a criada aínda non durmía; entón fixo retroceder vivamente a carruaxe ata a beira da fosa do abono. Pensaba que envorcando a carga, o corpo colocado en riba caería debaixo na fosa; e basculou a carrada.

Como o previra, o home quedou enterrado debaixo. Antón achandou o montón coa forquita, despois chantouna na terra, alí a carón. Chamou ó criado, mandoulle que metese os cabalos na corte; e marchou para o seu cuarto.

Deitouse e seguía a pensar no que ía facer, pero non se lle ocorría ningunha idea, o seu pavor ía medrando na inmobilidade do leito. ¡Fusilaríano! Suaba co medo; renxíanlle os dentes; ergueuse tremendo, sen poder aguantar máis entre as sabas.

Entón descendeu á cociña, colleu a botella de caña no aparador e volveu subir. Bebeu dous grandes vasos seguidos botando unha nova borracheira por riba da antiga, sen calma-la angustia da súa alma. ¡Fixéraa boa, maldito imbécil!

Agora andaba dun lado para outro do cuarto, buscando argucias, explicacións e trucos; e, de cando en vez, enxaugaba a boca cun grolo de augardente, da boa, para infundirse valor.

E non se lle ocorría nada, pero que nada.

Contra a media noite, o seu can gardián, unha especie de medio lobo que el nomeara Devorador, púxose a ouvear á morte. O tío Antón estremeceuse ata os miolos; e, de cada vez que o animal reiniciaba a súa queixa lúgubre e longo, un calafrío de medo corría pola pel do vello.

Deixárase caer nunha cadeira, coas pernas desfeitas, atordado, sen poder máis, esperando con ansiedade que Devorador recomezase o seu laio e sacudido por tódolos sobresaltos con que o terror fai vibra-los nosos nervios.

O reloxo de abaixo deu as cinco. O can non calaba. O campesiño volvíase tolo. Levantouse para ir ceiba-lo animal, por non o oír máis. Baixou, abriu a porta, avanzou na noite.

A neve seguía a caer. Todo estaba branco. As dependencias da granxa formaban grandes manchas negras. O home aproximouse á canceira. O can tiraba pola cadea. Ceibouno. Entón, Devorador deu un chimpo, logo parou en seco, co pelo ourizado, as patas tensas, ensinando os dentes, o fociño volto cara ó esterco.

Santo Antón, tremendo de pés a cabeza, balbuciu:

—¿Que é o que che pasa, demo danimal?

E avanzou algúns pasos, escudriñando coa ollada a sombra indecisa, a sombra amortecida do curral.

Entón viu unha forma, ¡unha forma humana sentada no seu esterco!

Ollaba para aquilo paralizado de terror e alasando. Mais, de pronto, distinguiu onda el o mango da forquita chantado na terra; arrincouna do solo; e, nun deses transportes de medo que fan temerarios ós máis covardes, botouse cara a adiante para ver mellor.

Era el, o seu prusiano, que saía enlamado da súa capa de porcallada que o quentara e o reanimara. Maquinalmente, sentara alí e alí permanecía, baixo a neve que o empoeiraba, manchado de sucidade e de sangue, aínda aparvado pola borracheira, atordado polo golpe, esgotado pola ferida.

Albiscou ó Antón e, demasiado apampado para comprender nada, fixo un movemento co fin de erguerse. Pero o vello, en canto o recoñeceu, lanzaba escumallos coma un animal rabioso.

Farfallaba:

—¡Ah!, ¡porco!, ¡porco! ¡non morriches! Agora vasme denunciar... Agarda... ¡agarda!

E, abalanzándose sobre o alemán, botou cara a adiante con todo o vigor dos seus brazos a forquita empuñada do mesmo xeito que unha lanza, e afundiulle no peito as catro puntas de ferro ata o mango.

O soldado caeu de costas exhalando un longo suspiro de morte, mentres que o vello labrego, retirando a arma das feridas, afundíaa de novo, unha vez tras doutra, no ventre, no estómago, na gorxa, golpeando coma un demente, perforando de pés a cabeza o corpo palpitante, o sangue do cal escapaba a cachón.

Seguidamente, detívose, sen folgos pola violencia da súa trasfega, aspirando o aire a grandes boqueadas, encalmado polo crime consumado.

Entón, como xa os galos cantaban nos galiñeiros e como o día ía nacer, púxose ó labor de enterra-lo home.

Cavou un burato no esterco, deu coa terra, cavou máis abaixo aínda, traballando dun xeito desordenado, cunha arroutada de forza e con movementos furiosos dos brazos e de todo o corpo.

Cando o oco foi bastante grande, fixo roda-lo cadáver para dentro coa forquita, botou terra por riba, pisouna ben, volveu poñe-lo esterco no seu sitio e sorriu ó ve-la neve mesta que completaba a súa tarefa e cubría as trazas co seu veo branco.

Logo cravou de novo a forquita no montón do esterco e volveu para a casa. A botella aínda mediada de augardente quedara na mesa. Baleirouna dun tirón, botouse na cama e quedou profundamente durmido.

Acordou sobrio, co espírito tranquilo e disposto, capaz de xulga-lo caso e de prever acontecementos.

Ó cabo dunha hora percorría a comarca pedindo noticias do seu soldado por todas partes. Logo foi onda os oficiais para saber, dicía el, por qué lle retiraran o seu home.

Como se coñecía a súa amizade, ninguén sospeitou del; e mesmo dirixiu a busca afirmando que o prusiano ía tódalas noites ás mozas.

Un vello xendarme xubilado que rexentaba unha pousada na poboación veciña e que tiña unha bonita filla, foi detido e fusilado.

Notas.

A señorita Fifí

1 Belfort e Estrasburgo: dúas cidades que resistiron heroicamente a invasión prusiana en 1870.

2 Unha mosca: anaquiño de tafetá (seda) negro, imitando un lunar, que as mulleres poñían sobre a pel para facer resalta-la brancura.

A pequena Roque

1 Renard = raposo, en francés.

2 As cores da bandeira francesa.

Santo Antón

1 Antiga moeda de ouro cuñada en España e Italia, de gran valor.

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2001
© da tradución Emma Lázare Rodríguez, 2001