Voltar

Machado de Assis

Contos

Versión galega de Óscar Ferreiro

 

A causa secreta

García, de pé, miraba e facía estalar os seus dedos; Fortunato, na cadeira, ollaba ao teito; María Luísa, onda a fiestra, acababa un traballo de agulla. Xa había cinco minutos que ningún deles dicía nada. Falaran do día, que fora excelente, de Catumbi, onde vivía o matrimonio Fortunato, e dunha clínica sobre a que xa falaremos máis adiante. Coma os tres personaxes aquí presentes están agora mortos e enterrados, xa é hora de contar a historia sen dar voltas.

Falaran tamén doutra cousa, ademais daquelas tres, unha cousa tan fea e grave, que non lles deixou moitos azos de falar do día, do barrio e do sanatorio. Toda a conversa a ese respecto foi forzada. Agora mesmo, os dedos de María Luísa seguen a tremer, mentres que no rostro de García hai unha expresión de severidade, que non é habitual nel. En verdade, o que pasou foi de tal natureza, que para facelo comprensíbel é preciso remontarse á orixe da situación.

García formárase en medicina, en 1861. En 1860, estando aínda na facultade, atopouse con Fortunato por primeira vez, na porta da Santa Casa; entraba cando o outro saía. Impresionouno a figura; pero aínda así esqueceríaa se non se volvesen atopar por segunda vez, poucos días despois. Vivía na Rúa de D. Manuel. Unha das súas poucas distraccións consistía en ir ao Teatro de S. Januário, que estaba preto, entre esa rúa e a praia; ía unha ou dúas veces ao mes, e nunca había máis de corenta persoas. Só os máis intrépidos se atrevían a estender os seus pasos até aquel recuncho da cidade. Unha noite, estando na súa cadeira, apareceu Fortunato e sentou ao seu carón.

A peza era un melodrama, cosido a navalladas, animado con imprecacións e remorsos; pero Fortunato escoitábao cun interese especial. Nas escenas dolorosas, a súa atención aumentaba, os ollos ían avidamente dun personaxe a outro, a tal punto que o estudante sospeitou que na peza había reminiscencias persoais do veciño. Ao final do drama, viña unha farsa; pero Fortunato non esperou por ela e saíu; García saíu detrás del. Fortunato foi polo canellón do Cotobelo, Rúa de San Xosé, até a Praza da Carioca. Ía devagar, abatido, parando ás veces , para deixar caer un caxatazo nalgún can que durmía; o can púñase a ouvear e el proseguía o seu camiño. Na Praza da Carioca subiu nun tílburi, e dirixiuse cara a Praza da Constitución. García volveu á súa casa sen saber nada máis.

Pasaron algunhas semanas. Unha noite, ás nove, estaba na casa cando oíu voces nas escaleiras; baixou deseguida da bufarda onde vivía, ao primeiro andar, onde moraba un funcionario do arsenal de guerra. Algúns homes conducíano, escadas arriba, ensanguentado. O negro que o servía acudiu para abrir a porta; o home xemía, as voces eran confusas, a luz escasa. Despois de deitalo na cama, García dixo que era necesario chamar por un médico.

-Aí ven un -dixo alguén.

García mirou: era o mesmo home da Santa Casa e do teatro. Pensou que sería parente ou amigo do ferido; pero rexeitou a suposición, no momento que lle preguntaba se tiña familia ou algún achegado. O negro díxolle que non, e el asumiu a responsabilidade do servizo, pediulles ás persoas descoñecidas que se retirasen, pagoulle ás persoas que trouxeron o ferido, e deu as primeiras ordes. Sabendo que García era veciño e estudante de medicina, pediulle que quedara para axudarlle ao médico. Deseguida contoulle o que pasara.

-Foi un grupo de ladróns. Eu viña do cuartel de Moura, fora visitar un curmán, cando oín un barullo moi grande, e logo vin unha aglomeración. Parece ser que tamén feriron a unha transeúnte que pasaba, e se metera por un daqueles canellóns; pero eu só vin a este señor, que cruzara a rúa no momento en que un dos ladróns, abalanzándose sobre el, lle asestara unha navallada. Non caeu no momento; chegou a dicir onde vivía, e que era preto, por iso pensei que era mellor traelo.

-Xa o coñecía? -preguntou García.

-Non, nunca o vira. Quen é?

-É un bo home, empregado do arsenal de guerra. Chámase Gouveia.

-Non sei quen é.

Un médico e un axente da policía chegaron pouco despois; fíxose a curación e tomáronse as declaracións. O descoñecido dixo que se chamaba Fortunato Gomes da Silveira, que nacera na capital, solteiro e vivía en Catumbi. Diagnosticouse a ferida como grave. Durante a curación, axudado polo estudante, Fortunato actuou como axudante, aguantaba da cunca, da vela, das vendas, sen meterse en nada, mirando friamente para o ferido que xemía moito. Ao final falou persoalmente co médico, acompañouno até o as escaleiras, e reiteroulle ao axente de policía que podía contar con el cando o desexase para as investigacións policiais. Os dous marcharon; o estudante e el permaneceron no cuarto.

García estaba abraiado. Mirouno, viuno sentarse tranquilamente, estarricar as pernas, meter as mans nos petos, e mirar para o ferido. Os ollos eran claros, cor de chumbo, movíanse devagar, e tiñan unha expresión dura, seca e fría. A cara delgada e pálida; unha tira de barba que pasaba por debaixo do queixo, e estendíase dunha tempa a outra, corta, roxa e rara. Tería uns corenta anos. De cando en vez virábase cara o estudante, e preguntáballe algunha cousa do ferido; pero deseguida volvía miralo, mentres o rapaz contestaba. A sensación que tiña o estudante era de repulsa ao mesmo tempo que de curiosidade; non podía negar que estaba a presenciar un acto de rara dedicación, e se era desinteresado como semellaba, non había máis que aceptar que o corazón humano era un pozo de misterios.

Fortunato saíu pouco antes dunha hora; volveu nos seguintes días, pero a cura fora rápida e, antes de que concluíra, desapareceu sen dicirlle ao ferido onde vivía. Foi o estudante quen lle deu as indicacións do nome, rúa e número.

-Vou agradecerlle a axuda prestada, cando poida saír -dixo o convalecente.

Correu a Catumbi seis días despois. Fortunato recibiuno forzado, oíu impaciente as palabras de agradecemento, deulle unha resposta fría e acabou batendo coas borlas da bata nos xeonllos. Gouveia, diante del, sentado e calado, alisaba o seu chapeu cos dedos, erguendo os ollos de cando en vez, sen ter nada que dicir. Ao cabo de dez minutos desculpouse e marchou.

-Coidado cos ladróns! -díxolle o dono da casa, rindo. O coitado marchou mortificado, humillado, tragando con dificultade o desdén, intentando esquecelo, explicalo ou perdoalo; para que no corazón só quedara a memoria da gratitude, pero o esforzo era van. O resentimento, hóspede novo e exclusivo, entrou e botou fóra a gratitude, de xeito que a desgraciada non tivo máis que subir até a cabeza e refuxiarse alá coma unha simple idea. Foi así como o propio beneficiario transmitiu neste home o sentimento de ingratitude.

Todo iso abraiou a García. Este rapaz posuía, en xerme, a facultade de descifrar os homes, de descompor os caracteres, tiña a paixón da análise, e sentía o don, que dicía ser supremo, de penetrar en moitas camadas morais, até apalpar o segredo dun organismo. Curioso, foi ver ao home de Catumbi, pero avisou que non recibira del o ofrecemento formal da súa casa. Cando menos, precisaba dunha escusa, e non atopou ningunha.

Tempo despois, xa formado, e vivindo na Rúa de Mata-cabalos , preto da do Conde, atopouse con Fortunato nunha góndola, xa o vira outras veces nese lugar, e a frecuencia trouxo a familiaridade. Un día Fortunato convidouno a visitalo alá preto, en Catumbi.

-Sabe que estou casado?

-Non o sabia.

-Casei hai catro meses, podería dicir catro días. Veña comer connosco o domingo.

-Domingo?

-Non busque escusas, non admito escusas. Veña o domingo.

García foi alá o domingo. Fortunato deulle unha boa cea, uns bos cigarros e unha boa charla, en compaña da súa muller, que era interesante. O seu xeito non mudara; os ollos eran as mesmas chapas de estaño, duras e frías; as outras faccións non eran máis atraentes ca antes. As atencións, sen embargo, se non salvaban a natureza, daban algunha compensación, e non era pouco. María Luísa si que tiña os dous atractivos, tiña personalidade e modais. Era esvelta, simpática, ollos meigos e submisos; tiña vintecinco anos pero non aparentaba máis de dezanove. Cando García volveu por segunda vez, reparou que entre eles había algunha disonancia de caracteres, pouca ou ningunha afinidade moral, e por parte da muller cara ao seu home certos xeitos que transcendían o respecto e se confinaban na resignación e no temor. Un día, estando os tres xuntos, García preguntoulle a María Luísa se sabía como coñecera o seu marido.

-Non -respondeu a rapaza.

-Vai escoitar algo que lle parecerá admirábel.

-Non paga a pena -interrompeu Fortunato.

-Vostede decidirá se paga a pena ou non -insistiu o médico.

Contoulle o que pasara na Rúa de Don Manuel. A rapaza escoitouno sorprendida. Insensibelmente estendeu a man e apertou o pulso do seu home, rindo e agradecida, como se acabase de descubrirlle o corazón. Fortunato encollíase de ombros, pero non oía con indiferenza. Ao final, el mesmo narrou a visita que o ferido lle fixera, con todos os pormenores da figura, dos xestos, das palabras, dos silencios, en resumo, algo raro. E ría moito cando o contaba. Non finxía cando ría. O finximento é evasivo e oblicuo; o seu riso era xovial e sincero.

-Un home raro! pensou García.

María Luísa sentiuse desconsolada pola burla do seu marido: pero o médico restituíulle a satisfacción anterior, volvendo a destacar a dedicación deste e as súas espectaculares calidades de enfermeiro; tan bo enfermeiro, concluíu el, que se algún día chego a abrir unha clínica, convidareino para traballar nela.

-En serio? -preguntou Fortunato.

-En serio o que?

-Que pensa abrir unha clínica?

-Non, estaba chanceando.

-É unha boa idea; e para vostede, que se inicia na clínica, sería algo realmente bo. De feito teño unha casa para arrendar que vai quedar desocupada, e serve.

García rexeitou a proposta ese día e incluso o día seguinte; pero a idea metéraselle na cabeza do outro, e xa non foi posíbel negarse máis. En realidade, era un bo comezo para el, e podía ser un bo negocio para os dous. Ao final aceptou, días máis tarde, e foi unha desilusión para María Luísa. Criatura nerviosa e fráxil, padecía coa só idea de que o seu home tivese que vivir en contacto con doenzas humanas, pero non se atreveu a oporse, e agachou a cabeza. O proxecto fíxose e levouse a cabo moi axiña. Cando se abriu o sanatorio, Fortunato ocupouse da administración e da supervisión dos enfermeiros; examinaba todo, ordenaba todo, compras e caldos, drogas e contas.

García puido entón verificar que a atención ao ferido da Rúa de D. Manuel non era un caso fortuíto, se non que se asentaba na propia natureza deste home.Víao traballar coma ningún dos seus empregados. Non recuaba ante nada, non coñecía molestia aflitiva ou repelente, e estaba sempre listo para todo, a calquera hora do día ou da noite. Todo o mundo o admiraba e aplaudía. Fortunato estudaba, acompañaba nas operacións, e non había ninguén como el para curar os cáusticos.

-Teño moita fe nos cáusticos -dicía el.

A comuñón de intereses estreitou os lazos da intimidade. García tornouse familiar na casa; alá ceaba case todos os días, alá observaba a persoa e a vida de María Luísa, cuxa soidade moral era evidente. E a soidade era como se duplicaba o seu encanto. García comezou a sentir algo que o axitaba cando aparecía ela, cando falaba, cando traballaba calada, xunto a un ángulo da fiestra, ou tocaba no piano unhas pezas tristes. Pouco a pouco, o amor foi entrando no seu corazón. Cando reparou na súa presenza, quixo expulsalo, para que entre Fortunato e el non existise máis vencello que o da amizade; pero non o conseguiu. O único que logrou foi vetalo ; María Luísa comprendeu as dúas cousas, o afecto e o silencio, pero non reparara niso.

A comezos de outubro pasou un incidente que desvendou aínda máis aos ollos do médico a situación da rapaza. Fortunato comezara estudar anatomía e fisioloxía, e dedicábase nas súas horas libres a abrir e envelenar gatos e cans. Como os ouveos dos animais molestaban aos enfermos, trasladou o laboratorio á súa casa, e a muller, nerviosa como era, tivo que aguantar. Pero un día, cando xa non aguantou máis, foi falar co médico e pediulle que, como se fose cousa súa, lle propuxera ao seu home que acabara con esas experiencias...

-Pero vostede mesma...

María Luísa interrompeuno sorrindo:

-Se llo comento eu, dirá que será infantil da miña parte. O que eu quería é que vostede, en calidade de médico, lle dixese que iso me fai mal; e ten que crer que iso é así...

García, non tardou en transmitir aquela mensaxe, que deixase de realizar aqueles experimentos. Se foi facelos noutro lugar, ninguén o soubo, pero pode ser que si. María Luísa agradeceullo ao médico, tanto por ela como polos animais, cuxos padecementos non podía aguantar. Tusía de cando en vez; García preguntoulle se sentía algunha cousa, ela respondeu que non.

-Deixe que lle tome o pulso.

-Non teño nada.

Non deixou que lle tomase o pulso, e marchou. García estaba preocupado. Pensaba, polo contrario, que algo lle ocorría e que era preciso observala e avisar, con tempo, ao seu home.

Dous días despois -exactamente o día en que os vemos agora-, García foi cear, no comedor dixéronlle que Fortunato estaba no laboratorio, e foi para alá; estando preto da porta María Luísa saía angustiada.

-Que pasa? -preguntoulle.

-O rato! O rato! -exclamou a rapaza atafegada mentres marchaba.

García lembrou que na véspera oíra a Fortunato queixarse porque un rato lle levara un papel importante; pero non pensaba ver o que vira. Viu a Fortunato sentado nunha mesa situada no centro do laboratorio, e encima desta mesa había un prato colocado con alcohol. O líquido flamexaba. Entre o polgar e o índice da man esquerda tiña un cordón, do cal pendía o rato atado do rabo e na man dereita tiña unha tesoira. No momento en que García entrou, Fortunato cortáballe ao rato unha das patas; deseguida baixou ao infeliz até a chama, rápido, para non matalo, e púxose a facer o mesmo coa terceira pata, pois xa lle cortara a primeira.

García parouse horrorizado.

-Mátao rápido! – díxolle.

-Xa vai.

E cun sorriso único, reflexo da súa alma satisfeita, algo que traducía a delicia íntima das sensacións supremas, Fortunato cortoulle a terceira pata ao rato, e levou a cabo por terceira vez o mesmo movemento de descenso até a chama. O miserábel retorcíase ouveando, ensanguentado, chamuscado, e non acababa de morrer. García desviou a mirada, despois volveu mirar cara á mesa, e estendeu a man para impedir que o suplicio continuase, pero non chegou a facelo, porque o demo daquel home daba medo, con toda aquela serenidade radiante da súa fisionomía. Faltaba cortar a última pata; Fortunato cortouna moi devagar, acompañando a tesoira cos ollos; a pata caeu, e el quedouse mirando o rato medio cadáver. Ao baixalo por cuarta vez até a chama, aumentou a velocidade do movemento, para salvar, se podía, algúns farrapos da vida.

García, ante el, conseguía dominar a repugnancia do espectáculo coa teima de observar a cara do home. Nin rabia, nin odio; tan só un vasto pracer, quieto e profundo, como calquera outro se oíse unha fermosa sonata ou contemplando unha estatua divina, algo parecido á pura sensación estética. Pareceulle, e era verdade, que Fortunato o esquecera completamente. Sendo así, non estaba a finxir, e as cousas tiñan que ser deste xeito, nada máis. A chama ía morrendo, se callar aínda lle quedaba algo de vida ao rato; Fortunato aproveitouno para cortarlle o fociño e achegar por última vez a carne até o lume. Por fin, deixou caer o cadáver no prato, e apartou toda aquela mestura de carne chamuscada e sangue.

Ao levantarse viu ao médico e asustouse. Entón, enfadouse co animal que lle comera o papel; pero a cólera evidentemente era finxida.

-Castiga sen rabia, pensou o médico, pola necesidade de atopar unha sensación de pracer, que só a dor allea lle pode dar: é o segredo deste home.

Fortunato recalcou a importancia do papel que tiña o papel para el, o problema que lle ocasionara a súa perda, xa que agora o tempo era importante para el. García só se limitaba a oílo, sen dicir nada nin darlle creto.

Relembraba os seus actos, graves e leves; tiñan todos a mesma explicación. Era o mesmo troco de teclas da sensibilidade, un diletantismo sui generis, unha redución de Calígula.

Cando María Luísa volveu ao laboratorio, pouco despois, o marido foi onda el rindo, colleuna das mans e faloulle tenramente:

-Mira que es covarde!

E mirando cara o médico:

-Podes crer que case se esvaeceu?

María Luísa defendeuse alegando que era moi nerviosa e que ademais era muller, despois foi a sentar onda á fiestra coas súas las e agullas, e os dedos aínda tremendo, tal como a vimos ao comezo desta historia. Lembrarán que, despois de ter falado doutras cousas, os tres calaron, o marido sentado mirando o teito, o médico facendo estalar os dedos das súas mans. Pouco despois foron cear; pero a cea non foi alegre. María Luísa cavilaba e tusía; o médico preguntábase se ela non estaría exposta a algún exceso en compaña dun home como aquel. Era só unha posibilidade; pero o amor cambiou a posibilidade en verdade; asustouse pensando nela e decidiu vixialos .

Ela tusía, tusía, e non pasou moito tempo sen que a molestia se tornase visíbel. Era a tísica, vella muller insaciábel, que chupa a vida enteira, até reducila nunha morea de ósos. Fortunato recibiu a nova como un golpe; amaba a súa muller, pero á súa maneira; estaba acostumado a ela, custáballe perdela. Non aforrou en esforzos, médicos, remedios, cambios de aire, todos os recursos e todos os paliativos. Pero foi todo en van. A doenza era mortal.

Nos últimos días, en presenza dos tormentos supremos da rapaza, a índole do marido subxugou calquera outro afecto. Non a volveu deixar soa; fixou o ollo empapado e frío naquela descomposición lenta e dolorosa da vida, bebeu unha a unha as afliccións da fermosa criatura, agora delgada e transparente, devorada pola febre e minada pola morte. Egoísmo áspero, famento de sensacións, non lle perdoou un só minuto de agonía, nin llos pagou cunha soa bágoa, pública ou íntima. Foi cando ela morreu que o home quedou aparvado. Volvendo en si, viu que outra vez estaba só.

De noite, cando unha parente da María Luísa foi descansar, que lle axudara a morrer, ficaron na sala Fortunato e García, velando o cadáver, os dous pensativos; pero o marido estaba esgotado e o médico díxolle que fose durmir un pouco.

-Vai descansar, durme un par de horas: eu irei despois.

Fortunato saíu, foi a deitarse no sofá da saliña contigua e durmiuse deseguida. Vinte minutos despois espertou, quixo durmir outra vez , durmiu uns minutos, até que se ergueu e volveu á sala. Camiñaba nas puntas dos pés para non espertar á parenta, que durmía preto. Cando chegou á porta, parouse pasmado.

García achegárase ao cadáver, erguera a saba e contemplaba durante uns intres as faccións da defunta. Despois, como se a morte o espiritualizase todo, beixouna na fronte. Foi nese momento cando Fortunato chegou á porta. Detívose sorprendido: non podía ser o beixo da amizade, podía ser o epílogo dun libro adúltero. Non tiña celos; a natureza compuxo de tal maneira que non sentise celos nin envexa, pero déralle unha certa vaidade, que xa é algo. Mirou asombrado, mordendo os beizos.

Mentres tanto, García volveu a inclinarse para beixar o cadáver unha vez máis, pero desta xa non aguantou máis. O beixo estalou en choros, e os ollos foron incapaces de conter as bágoas que abrocharon a cachón, bágoas de amor calado, e irremediábel desesperación. Fortunato, na porta, onde quedara, saboreou tranquilo esa explosión de dor moral que foi longa, moi longa, deliciosamente longa.

 

Cláusula testamentaria

"...é a miña derradeira vontade que o cadaleito no que o meu corpo ha de descansar sexa fabricado por Xaquín Soares, que vive na Rúa da Alfándega. Quero que el estea informado desta disposición, que tamén será pública. Xaquín Soares non me coñece; pero é digno da distinción, por ser un dos nosos mellores artistas, e un dos homes máis honrados da nosa terra... "

Esta cláusula testamentaria cumpriuse ao pé da letra. Xaquín Soares fixo o cadaleito no que foi introducido o corpo do pobre Nicolás B. de C.; fabricouno el mesmo, con amore; e, ao final, con un aceno cordial, pediu permiso para non recibir ningunha remuneración. Cría que estaba ben pago; o favor do defunto era en si mesmo un premio insigne. Só desexaba unha cousa: a copia do texto orixinal da cláusula. Déronlla; el mandouna enmarcar e colgar dunha punta, na súa tenda. Os outros fabricantes de cadaleitos, pasado o asombro, exclamaron que o testamento era un despropósito. Grazas a Deus, isto é unha das vantaxes da organización social e todas as demais clases creron que aquela man, saíndo do abismo para bendicir a obra dun obreiro modesto, practicara unha acción rara e magnánima. Corría o ano 1855; a poboación estaba máis acomodada; non se falou doutra cousa. O nome de Nicolás oírase durante moitos días na prensa da corte, de onde pasou ás das provincias. Pero a vida universal é tan variada, os acontecementos acumúlanse con tal intensidade, e con tal prontitude e, finalmente, a memoria dos homes é tan fráxil, que chegou un día no que as obras de Nicolás mergulláronse de cheo no esquecemento.

Non veño lembrala. Esquecer é unha necesidade. A vida é unha laxe, na que o destino, para escribir un novo episodio, ten que borrar o anterior. Obra de lapis e esponxa. Non, non veño lembrala . Hai milleiros de accións tan fermosas e aínda máis fermosas cá de Nicolás, que foron engulidas polo esquecemento. Veño dicir que a cláusula testamentaria non é un efecto sen causa; veño amosar unha das maiores curiosidades mórbidas deste século.

Si, meu querido lector, imos entrar de cheo no eido da patoloxía. Ese neno que aí vedes, a fins do século pasado (en 1855, cando morreu, tiña Nicolás sesenta e oito anos), ese neno non é un produto san, non é un organismo perfecto. Ao contrario, desde os máis tenros anos, manifestou mediante actos reiterados que había nel algún vizo interior, algunha falla orgánica. Non se pode explicar doutro xeito a teima con que el corre a destruír os xoguetes dos outros nenos, non digo os que son iguais aos del, ou aínda inferiores, se non os que son mellores ou máis caros. Menos aínda se comprende que, nos casos en que o xoguete é único ou polo menos raro, o pequeno Nicolás console á vítima con dúas ou tres patadas; nunca menos dunha. Todo isto é escuro. Culpa do pai non pode ser. O pai era un honrado comerciante ou comisionista (a maior parte das persoas ás que aquí se lle dá o nome de comerciantes, dicía o marqués de Lavradio, son nada máis que simples comisionistas), que viviu con certo brillo, no último cuarto de século, home severo, austero, que aconsellaba ao fillo e, cando era necesario, castigábao. Pero nin as reprimendas nin os castigos servían de nada. O pulo interior de Nicolás era máis eficaz que todos os caxatazos paternos; e, unha ou dúas veces por semana, o pequeno reincidía no mesmo delito. Os desgustos da familia eran moitos. Ás veces incluso chegou a pasar algo que, polas súas gravísimas consecuencias, merece ser contado.

O vicerrei, que era daquela o conde de Resende, estaba preocupado pola necesidade de construír un peirao na praia de don Manuel. Isto, que hoxe sería un simple episodio municipal, era naquel tempo, tendo en conta as reducidas proporcións da cidade, unha empresa importante. Pero o vicerrei non tiña recursos; os fondos públicos case non podían cubrir as principais demandas. Home de Estado, e probabelmente filósofo, fixo un expediente non menos suave e proficuo; distribuír, a cambio de donativos pecuniarios, postos de capitán, tenente e alférez. Divulgada a resolución, o pai de Nicolás pensou que era a ocasión ideal para figurar, sen perigo, na galería militar do século, ao mesmo tempo que con iso desmentía unha doutrina brahmánica. De feito, consta nas leis de Manu que dos brazos de Brahma naceron os guerreiros, e do ventre os agricultores e comerciantes; o pai de Nicolás, ao adquirir o nomeamento de capitán, corrixía ese punto da anatomía xentílica. Outro comerciante, que con el competía en todo, ben eran parentes e amigos, case non tivo novas do nomeamento do cargo que lle foi outorgado, e por iso tamén foi levar a súa pedra ao porto. Desgraciadamente, o despeito por demorar algúns días, suxeriulle un arbitrio de mal gusto e, no noso caso, funesto; así foi como el pediu ao vicerrei outro posto de oficial do porto (tal era o nome dado aos agraciados por aquel motivo) para un fillo de sete anos. O vicerrei dubidou pero o pretendente, ofreceu o duplo como doazón, teimou para conseguir o que quería, e o neno foi nomeado alférez. Todo ocorreu en segredo; o pai de Nicolás chegou a saber do acontecido o domingo seguinte, na igrexa do Carme, ao ver aos dous, pai e fillo. O neno lucía un uniforme, ofrecido por xentileza do corpo. Nicolás, que tamén estaba no lugar dos feitos, palideceu; despois, levado por un impulso, botouse sobre o mozo alférez e estragoulle o uniforme, antes de que os pais puidesen separalos. Foi un escándalo. Os berros da xente, a indignación dos devotos, as queixas do agredido, interromperon por momentos as cerimonias eclesiásticas. Os pais trocaron algunhas palabras duras, fóra, no adro, e enfadáronse para toda a vida.

-Este rapaz será a nosa perdición! -dicía o pai de Nicolás, na súa casa, despois do acontecido.

Nicolás recibiu moitas labazadas, aturou moita dor, chorou; pero este castigo carnal nada cambiou. Os xoguetes dos outros nenos seguiron sendo obxectivos do rapaz. O mesmo ocorreu coa roupa. Os nenos máis ricos do barrio non saían á rúa, e se o facían era coa roupa máis modesta, era o único modo de escapar ás unllas de Nicolás. Co transcurso do tempo, estendeu a súa aversión ás caras, cando eran bonitas ou consideradas como tal. A rúa na que vivía contaba con moitas caras partidas, rabuñadas e inchadas. As cousas chegaron a tal punto, que o pai decidiu pechalo na casa durante tres ou catro meses. Foi un paliativo e, como tal, excelente. Mentres durou a reclusión, Nicolás mostrouse pouco menos que anxelical; fóra daquel destino mórbido, era meigo, dócil, obediente, amigo da familia, puntual nas oracións. Pasados os catro meses, o pai ceibouno; xa era hora de que se encargase del un profesor de lectura e gramática.

-Déixemo a min -dixo o profesor-; déixemo a min. Con isto (e sinalaba a regra de madeira) non lle han quedar azos de maltratar aos compañeiros.

Frívolo, tres veces frívolo profesor! Si, non hai dúbida que el conseguiu defender as caras dos nenos fermosos e as roupas rechamantes, castigando as primeiras investidas do pobre Nicolás; pero, logrouse curalo do seu mal? Ao contrario, obrigado a conterse , a tragar os seus impulsos, padecía o dobre, tornábase máis vermello, con trazas dun verde bronce; ás veces víase obrigado a mirar para outro lado ou pechar os ollos para non rebentar, dicía el. Por outro lado, deixou de perseguir aos máis fermosos ou mellor vestidos, non perdoou aos que se presentaban máis adiantados no estudo; batía neles, quitáballes os libros, e levábaos, ás praias ou ás augas costeiras. Discusións, sangue, odios, tales eran os froitos da vida para el, ademais das dores crueis que padecía, e que a familia non quería entender. Se alén disto dicimos que el non puido estudar nada de forma continua, sempre foi con interrupcións, e mal, como comen os vagabundos, nada regular, nada metódico, habemos ver algunhas das dolorosas consecuencias do feito mórbido, oculto e descoñecido. O pai, que soñaba con ver ao seu fillo na universidade, sentíndose obrigado a esquecer esa ilusión, estivo por maldicilo; foi a nai quen o salvou.

Saíu un século, chegou outro, sen que desaparecese a lesión de Nicolás. Morreulle o pai en 1807 e a nai en 1809; a irmá casou cun médico holandés trece meses despois. Nicolás pasou a vivir só. Tiña vinte e tres anos; era un dos estrafalarios da cidade; pero un estrafalario singular, que non podía toparse con ningún outro, xa fose máis favorecido de faccións, ou portador dalgún chaleco especial, sen padecer unha dor violenta, tan violenta que o obrigaba ás veces a morder o seu beizo até o facer sangrar. De tanto en tanto cambaleaba; tamén había ocasións nas que lle corría pola comisura da boca un fío case imperceptíbel de escuma. E o resto non era menos cruel. Entón, Nicolás era groseiro; na súa casa todo o amolaba, todo lle resultaba incómodo, todo nauseabundo; fería a cabeza dos escravos cos pratos, que ao final acababan rotos, e perseguía os cans a patadas; non paraba nin un minuto, non comía, ou comía mal. Por fin durmía; e menos mal que durmía. O feito de durmir arranxaba todo. Erguíase tranquilo e amábel, con alma de patriarca, e beixaba os cans entre as orellas, deixándose lamber por eles, dándolles o mellor de si, falaba cos escravos, tiña con eles relacións máis familiares e tenras. E todos, cans e escravos, esquecían os golpes da véspera, e acudían ao seu chamado obedientes, namorados, como se el fose o verdadeiro señor e non o outro.

Un día, estando na casa da súa irmá, ela preguntoulle porque non seguía algunha carreira, algo que o mantivese ocupado, e...

-Tes razón; vou cavilar niso -dixo el.

Interveu o cuñado e pensou que ter un cargo na diplomacia estaría ben. O cuñado comezaba a sospeitar que padecía algunha doenza e supuña que o troco de clima abondaría para restabelecelo. Nicolás conseguiu unha carta de presentación, e foi entrevistarse co ministro de Asuntos exteriores. Atopouno rodeado dalgúns oficiais da secretaría da súa competencia, a punto de ir á corte para transmitir a nova, é dicir, a segunda caída de Napoleón, nova que chegara algúns minutos antes. A figura do ministro, as circunstancias do momento, as reverencias dos oficiais, todo iso produciu tal impacto no corazón de Nicolás, que el non puido encarar o ministro. Tentou, entre seis e oito veces, de erguer a vista, e a única ocasión na que o conseguiu, a súa mirada anubou, e non vía ninguén, ou só unha sombra, un vulto, que lle mancaba nas pupilas, ao mesmo tempo que as súa cara se tornaba de cor verde. Nicolás recuou, estendeu a man, que tremía, cara ao criado e fuxiu.

-Non quero ser nada! -díxolle á irmá ao chegar á casa-; quedo aquí convosco e os meus amigos.

Os amigos eran os rapaces máis antipáticos da cidade, vulgares e insignificantes. Nicolás escolléraos intencionadamente. Vivir segregado dos máis lercháns era para el un grande sacrificio; pero como tería que padecer moito máis convivindo con eles, aturaba a situación. Isto demostra que el tiña un certo coñecemento empírico do mal e do paliativo. O certo é que, con eses compañeiros, desaparecían todas as perturbacións fisiolóxicas de Nicolás. El mirábaos sen tornarse pálido, vesgo e sen cambalearse, en definitiva, sen nada. Ademais, eles non só lle evitaban a natural irritabilidade, senón que tamén se empeñaban en facerlle a vida, se non grata, polo menos tranquila; e para iso actuaban con el coas maiores delicadezas do mundo, tiñan comportamentos servís, dunha certa familiaridade inferior. Nicolás amaba en xeral as naturezas subalternas, como os enfermos aman a droga que lles restitúe a saúde; alumeábaas paternalmente, estimulábaas abundante e cordialmente, prestáballes diñeiro, dáballes mimos, abríalles a alma...

Chegou o día do berro de Ipiranga; Nicolás meteuse na política. En 1823, imos encontralo na Asemblea. Non imos falar da maneira coa que cumpriu coas obrigas do cargo. Íntegro, desinteresado, patriota, non exercía de balde esas virtudes públicas, senón a costa de grandes tempestades morais. Pódese dicir, metaforicamente, que as tarefas do Concello sacáballe sangue. E non só porque os debates lle parecían insoportábeis, senón tamén porque lle era difícil mirar á cara a certos homes, especialmente certos días. Montezuma, por exemplo, parecíalle un prepotente; Vergueiro, un pesado, os Andradas, uns execrábeis. Cada discurso, non só dos principais oradores, senón tamén dos secundarios, era para Nicolás un verdadeiro suplicio. E, non obstante, non faltaba a ningunha convocatoria, sempre firme e á hora. As votacións nunca o pillaron ausente; nunca o seu nome soou sen eco nesa sala respectábel.. Sexa cal for a intensidade da súa desesperación, sabía conterse e dáballe máis importancia á idea da patria, aínda que fose por riba das súas necesidades. Talvez aplaudise in petto o decreto da disolución. Non o afirmo pero hai boas razóns para crer que Nicolás, malia as mostras exteriores, sentiuse satisfeito ao ver disolta a asemblea. E se esta suposición é verdadeira non menos o será a que segue: a deportación dalgúns dos líderes constituíntes, declarados inimigos públicos, veu estragarlle aquel pracer. Nicolás, que padecera os seus discursos, non padeceu menos co exilio, posto que lles trouxo unha certa relevancia. Se el tamén fose exiliado!

-Poderías casar, meu irmán -díxolle a irmá.

-Non teño moza.

-Consígoche unha, queres?

Era un plano do marido. Opinando sobre este, a molestia de Nicolás fora descuberta; tratábase dun verme que andaba no intestino, que se nutría da dor do paciente, é dicir, dunha secreción especial, producida pola contemplación dalgúns feitos, situacións ou persoas. A cuestión era matar o verme; pero ao non coñecer ningunha substancia química adecuada para destruíla, quedaba como único recurso impedir a secreción, xa que a súa eliminación traería consigo o mesmo resultado. Polo tanto, corría présa casar a Nicolás con algunha rapaza fermosa, agraciada e con calidades, separalo do atafego, aloxalo nalgunha casa de campo, onde levaría a mellor louza, os mellores móbeis, os amigos máis insignificantes, etc.

-Todas as mañás -seguiu el- Nicolás ha recibir un xornal que vou mandar imprimir co único fin de dicirlle as cousas máis agradábeis do mundo, e dicilas nominalmente, lembrando os seus modestos, pero proficuos traballos na Asemblea, e atribuíndolle moitas aventuras amorosas, agudezas do espírito e accións coraxosas. Xa falei co almirante holandés e acordamos unha cousa, de cando en vez, un dos seus oficiais iría visitar Nicolás para dicirlle que non podía voltar á Haia sen antes contemplar un cidadán tan eminente e simpático, na que se reúnen calidades excepcionais e, de ordinario, dispersas. E ti, se puideses conseguir que algunha modista, a Gudin, por exemplo, puxese o nome de Nicolás nun chapeu ou capa, axudarías moito na recuperación do teu irmán. Cartas amorosas anónimas, enviadas por correo, son un recurso eficaz... Pero comecemos polo principio, que é casalo .

Nunca un plano foi executado con maior conciencia. A noiva escollida era a máis esvelta, ou unha das máis esveltas da capital. Casounos o propio bispo. Recluído na casa de campo, acompañáronos alá só algúns dos seus amigos máis triviais; imprimiuse o xornal, enviaron as cartas, subornouse as visitas. Durante tres meses todo andou ás mil marabillas. Pero a natureza, empeñada en sorprender ao home, mostrou unha vez máis que ela posúe segredos imprevisíbeis. Un das maneiras para agradar a Nicolás era eloxiar a beleza, a elegancia e as virtudes da súa muller; pero a molestia avanzara e o que parecía un remedio excelente só contribuíu para agravar o mal. Nicolás, ao cabo dalgún tempo, comezou a sospeitar de tantos eloxios que lle facían á súa muller, e iso abondaba para impacientalo e a impaciencia producíalle a fatal secreción. Parece ser que chegou ao punto de non poder mirarlle á cara durante longos períodos, e mesmo chegou a mirala con malos ollos; había discusións que serían o principio dunha separación, se ela non morrese pouco despois. A dor de Nicolás foi profunda e verdadeira; pero a cura interrompeuse deseguida, porque el voltou a Río de Xaneiro, onde imos atopalo, tempo despois, entre os revolucionarios de 1831.

Non obstante, é temerario querer precisar as causas que levaron a Nicolás ao Campo da Aclamación, a noite do 6 de abril, penso que non ha de andar lonxe da verdade quen supoña que -foi o raciocinio dun ateniense célebre e anónimo- tanto os que eloxiaban, como os que falaban mal do emperador acabaran coa paciencia de Nicolás. Ese home que inspiraba entusiasmos e odios, cuxo nome era repetido onde queira que Nicolás se atopase, na rúa, no teatro, nas casas alleas, converteuse nunha auténtica persecución mórbida, de aí o fervor con que el se incorporou ao movemento de 1831. A abdicación foi un alivio. Verdade é que a Rexencia atopouno ao pouco tempo entre os seus adversarios; e hai quen afirme que el se alistou ao Partido Caramurú ou Restaurador, pero disto non hai probas. O certo é que a vida pública de Nicolás cesou coa maioridade de Pedro II.

A doenza apoderárase definitivamente do organismo. Nicolás, pouco a pouco, íase agochando na soidade. Non podía facer certas visitas, frecuentar certas casas. O teatro xa non conseguía distraelo. Os seus órganos auditivos estaban tan sensíbeis, que o ruído dos aplausos lle producía unhas dores terríbeis. O entusiasmo da poboación fluminense ante a famosa Candiani e a Meréa, especialmente a Candiani, cuxo carro fora empuxado por algúns brazos humanos, obsequio tan insigne como non llo farían ao propio Platón, ese entusiasmo foi unha das maiores mortificacións ocasionadas a Nicolás. El chegou ao punto de non ir máis ao teatro, de sentir que Candiani era insoportábel, e preferir a Norma dos pequenos órganos á da prima-dona. Non era por un patriotismo esaxerado que lle gustaba oír a Xoán Caetano, nos primeiros tempos; pero ao final, tamén o abandonou, e case aconteceu o mesmo con todos os teatros.

-Está perdido!, pensou o cuñado. Se puidésemos darlle un bazo novo...

Como pensar en tal cousa? Estaba naturalmente perdido. Xa non abondaban coas diversións domésticas. As tarefas literarias ás que se entregou, versos de familia, glosas e odas políticas, non duraron moito tempo, e incluso pode ser que isto lle agravase a doenza. De feito, un día, pareceulle que esta ocupación era a cousa máis ridícula do mundo, e os aplausos dedicados a Gonçalves Dias, por exemplo, déronlle idea dunha aldea trivial e dominada polo mal gusto. Ese sentimento literario, froito dunha lesión orgánica, reaccionou sobre a propia lesión, ao punto de producir graves crises, que o deixou na cama algún tempo. O cuñado aproveitou o momento para sacar da súa casa todos os libros de certo contido.

Pouco meses despois, produciuse un acontecemento inexplicábel, Nicolás comezou vestirse dunha maneira un pouco estrafalaria, cousa que non ten explicación. Educado con xeitos de elegancia, era un vello cliente de Plum, un dos principais xastres da corte, e non pasaba un só día sen que fose a peitearse a Desmarais e Gérard, coiffeurs de la cour, na Rúa do Ouvidor. Parece ser que atopou demasiado soberbia esta denominación de perruqueiros da corte, e castigounos indo peitearse a unha barbería corrente. Canto ao motivo que o levou a cambiar de traxe, repito que é enteiramente escuro, e a non ser por razóns de idade, resulta inexplicábel.

A despedida do cociñeiro é outro enigma. Nicolás, por insinuación do cuñado, que quería distraelo, ofrecía dúas ceas por semana; e os comensais eran unánimes en considerar que o cociñeiro de Nicolás primaba sobre todo os da capital. Realmente, os pratos eran bos, algúns excelentes, pero o eloxio era un tanto enfático, excesivo, co propósito, xustamente, de ser agradábel con Nicolás, e así foi durante algún tempo. Como entender, porén, que un domingo, acabada a cea, que fora magnífica, despedise a un home tan notábel, causa indirecta dalgúns dos seus momentos máis deliciosos na terra? Misterio impenetrábel.

-Era un ladrón! -foi a resposta que lle deu ao cuñado.

Nin os esforzos deste nin os da irmá e dos amigos, nin dos bens, nada mellorou ao noso triste Nicolás. A secreción do bazo tornouse crónica, e o verme reproduciuse dun xeito alarmante, teoría que non sei se é verdadeira, pero que era a do cuñado. Os últimos anos foron moi cruentos. Case se podería xurar que el viviu daquela, coa cara continuamente esverdeada, irritada, cos ollos vesgos, padecendo moito máis que as persoas que o rodeaban. O pretexto máis ridículo ou máis tremendo acabáballe cos nervios: un bo discurso, un artista xeitoso, unha carruaxe, unha gravata, un soneto, un dito, un soño interesante, todo lle provocaba unha crise.

Quererá deixarse morrer? Así o poderiamos interpretar, ao ver a impasibilidade con que rexeitou os remedios dos principais médicos da corte; foi necesario recorrer á simulación e administralos, por fin, como receitados por un ignorante da época. Pero xa era tarde. A morte levouno ao cabo de dúas semanas.

-Xaquín Soares? -berrou abraiado o cuñado, ao enterarse da cláusula testamentaria do defunto, que ordenaba que o cadaleito fose fabricado por aquel artesán. Pero os caixóns dese home son moi malos, e...

-Paciencia! -interrompeuno a súa muller-; a vontade do meu irmán ten que cumprirse.

Misa do galo

Nunca puiden entender a conversa que tiven cunha señora hai moitos anos; daquela eu tiña dezasete anos, e ela trinta. Era noite de Nadal. Acordara cun veciño ir á misa do galo e preferín non durmir; eu tiña que ir espertalo á media noite.

A casa na que estaba hospedado era a do escribán Meneses, que estivera casado en primeiras nupcias cunha das miñas curmás. A segunda muller, Concepción, e a nai desta acolléronme ben cando cheguei de Mangaratiba a Río de Xaneiro, uns meses antes, para estudar os exames que me habían levar aos estudos superiores. Vivía tranquilo naquela casa soleada da Rúa do Senado cos meus libros, unhas poucas relacións, algúns paseos. A familia era pequena: o notario, a muller, a sogra e dúas escravas. Eran de antigos costumes. Ás dez da noite todo o mundo ía para os seus cuartos; ás dez e media a casa durmía. Nunca fora ao teatro, e en máis dunha ocasión, oín dicirlle ao Meneses que ía ir, eu pedinlle que me levase con el. Mentres lle pedía ese favor a sogra retorcía a cara e as escravas ríanse dela por detrás; el non respondía, vestíase, saía e voltaba á mañá seguinte. Máis tarde souben que o teatro era un eufemismo. Meneses tiña relación cunha señora separada e durmía fóra unha vez á semana. Concepción sufría ao principio coa existencia da concubina, pero ao final resignouse, acostumouse, e acabou pensando que estaba ben feito.

Que boa persoa é Concepción! Chamábana "a santa", e facía xustiza ao alcume porque soportaba os esquecementos do home. A verdade é que era dun temperamento moderado, non era excesivo, sen moitas bágoas nin grandes sorrisos. No capítulo do que trato, parecía mahometana; aceptaría un harén pero coas aparencias agochadas. Que Deus me perdoe se a xulgo mal. Todo nela era atenuado e pasivo. O propio rostro era mediano, nin bonito nin feo. Era o que chamamos unha persoa simpática. Non falaba mal de ninguén, perdoaba todo. Non sabía odiar; incluso se podería dicir que non sabía amar.

Aquela noite o notario fora ao teatro. Era en 1861 ou 1862. Eu andaría xa por Mangaratiba, de vacacións; pero quedei até o Nadal para ver a "misa do galo na casa". A familia seguiu os costumes de sempre, permanecín na sala de enfronte, vestido e listo. De aí pasaría ao corredor da entrada e sairía sen espertar ninguén. A porta tiña tres chaves; o notario tiña unha, eu levaría outra e a terceira quedaba na casa.

-Pero, señor Nogueira, que andará vostede a facer todo este tempo? -preguntoume a nai de Concepción.

-Ler, señora Ignacia.

Levaba comigo un libro, Os Tres mosqueteiros, penso que era unha vella tradución do Xornal do Comercio. Sentei á mesa que estaba no centro da sala, e á luz dun quinqué, mentres a casa durmía, subín unha vez máis ao delgado cabalo de D'Artagnan e boteime á aventura. Ao pasar un tempo estaba ebrio de Dumas. Os minutos voaban, ao contrario de cando esperas por algunha cousa; oín que daban os once, non o esperaba, foi toda unha casualidade. Mentres tanto, oín un ruído que me acordou da lectura. Eran uns pasos no corredor que ían da sala ao comedor; erguín a cabeza; e pronto vin a Concepción asomarse á porta.

-Aínda non marchou? -preguntou.

-Non, parece que aínda non é media noite.

-Que paciencia ten!

Concepción entrou na sala, arrastrando as pantuflas. Traía posta unha bata branca, mal cinguida á cintura. Sendo delgada, tiña un aquel de visión romántica, idea axustada ao meu libro de aventuras.

Pechei o libro; ela foi sentarse na cadeira que estaba diante de min, preto do canapé. Pregunteille se a espertara, facendo ruído, pero ela respostou axiña:

-Non oh!Acordei soa.

Fiteina un pouco e dubidei da súa resposta. Os seus ollos non eran os dunha persoa que acabara de durmir; parecían que aínda non se pecharan para durmir. Sen embargo, esa observación, que significaría algo noutra mente, desboteina axiña, sen advertir que ao mellor non durmira pola miña culpa e que mentira para non preocuparme ou enfadarme. Xa dixen que ela era boa, moi boa.

-Pero a hora xa debe de andar preto, dixen eu.

-Pero que paciencia ten, esperar esperto mentres o veciño dorme! E esperar só! Non lle dan medo as almas do outro mundo? Penso que colleu medo cando me viu.

-Cando oín os pasos, pareceume raro; pero vostede apareceu axiña.

-Que estaba a ler? Non mo diga, xa sei, é o libro dos Mosqueteiros.

-Correcto; está moi ben.

-Gústanlle as novelas?

-Gustan

-Xa leu A Moreniña?

-Do escritor Macedo? Téñoo en Mangaratiba.

-A min gústanme moito as novelas, pero leo pouco, por falta de tempo. Que novelas leu?

Empecei a citarlle algunhas. Concepción escoitábame coa cabeza inclinada cara atrás, os seus ollos víanse entre as pálpebras a medio pechar, sen deixar de mirarme. De cando en vez pasaba a lingua polos beizos, para humedecelos. Cando acabei de falar non me dixo nada; quedamos así algúns segundos. De pronto, vin que erguía a cabeza, cruzaba os dedos e apoiaba o queixo neles, mantendo os cotobelos nos brazos da cadeira; todo isto sen deixar de mirarme con eses ollos ben abertos.

-Ao mellor está aburrida, pensei.

Entón dixen en voz alta:

-Señora Concepción, penso que vai sendo horas, e eu...

-Non, non, aínda é cedo. Acabo de ver o reloxo; son os once e media. Ten tempo. Vostede se non dorme de noite é capaz de non durmir durante o día?

-Non había ser a primeira vez.

-Eu non son quen; se non durmo pola noite, ao seguinte día non aguanto, aínda que sexa media hora teño que durmir. Certo é que agora vou para vella.

-Vostede non é vella Señora Concepción.

Tan emotiva foi a miña resposta que a fixen sorrir. Normalmente os seus xestos eran lentos e as súas actitudes tranquilas; sen embargo, desta ergueuse rapidamente, foi ao outro lado da sala e deu uns pasos, entre a fiestra da rúa e a porta do despacho do seu home. Así, co seu desaliño honesto, dábame unha impresión especial. Malia ser delgada, tiña non sei qué movemento no andar, como alguén que lle custa levar o corpo; ese aspecto nunca me pareceu tan diferente como daquela noite. Algunhas veces paraba, examinando unha parte da cortina, ou tentaba colocar algún adorno do aparador; finalmente parouse diante miña, coa mesa separándonos. O círculo das súas ideas era estreito; volveu quedar sorprendida por atoparme esperto, agardando. Eu repetinlle o que ela xa sabía, é dicir, que nunca oíra a misa do galo nesta casa, e non a quería perder.

-É a mesma misa de aldea; todas as misas son parecidas.

-Seillo ben; pero aquí ten de haber máis luxo e máis xente tamén. Atenda, a semana santa na casa é máis bonita que nas aldeas. E por non falar das festas de San Xoán, nin das de San Antón...

Pouco a pouco íase inclinando; agora xa apoiaba os cotobelos sobre a mármore da mesa e metía o rostro entre as súas mans abertas. Non tiña as mangas abotoadas, caíanlle de forma natural, e vinlle a metade dos brazos, moi claros e menos delgados do que se podería supor. Aínda que as vistas non eran unha novidade para min, tampouco eran normais; naquel momento, sen embargo, a impresión que me produciu foi grande. As súas veas eran tan azuis que, a pesar da pouca claridade, podía contalas desde o meu lugar. A presenza de Concepción espelírame aínda máis cá do libro. Seguín dicindo o que pensaba das festas de aldea e de cidade, e doutras cousas que se me ocorrían. Falaba emendando os temas, sen saber a razón, variándoos ou volvendo aos primeiros, e rindo para a facer sorrir e ver os seus dentes que lucían tan brancos, todos igualiños. Os seus ollos non eran exactamente negros, pero si escuros; o nariz, seco e longo, un pouquiño torto, dáballe á súa cara un aire interrogativo. Cando subía o ton da voz, ela reprimíame:

-Máis baixo! Mamá pode espertar .

E non saía daquela postura, que me enchía de gusto, tan preto estaban as nosas caras. Realmente, non era necesario falar en voz alta para entendernos; falabamos moi baixo, eu máis que ela, porque falaba máis; ela, ás veces , púñase seria, moi seria, coa cabeza un pouco agachada. Finalmente cansouse; cambiou de actitude e de lugar. Deulle a volta á mesa e veu sentar ao meu lado, no canapé. Vireime, e puiden ver, de esguello, a punta das pantuflas; pero foi só no momento que levou para sentar, a bata era longa e tapounas enseguida. Lembro que eran negras.

Concepción dixo baixiño:

-Mamá está lonxe, pero ten o sono moi lixeiro, se espertase agora, coitada, non voltaría a durmir.

-Eu tamén son así.

-Como? -preguntou ela inclinando o corpo para oír mellor.

Fun sentar na cadeira que estaba ao lado do canapé e repetinlle a frase. Riuse da coincidencia, tamén ela tiña o sono lixeiro; eramos tres sonos lixeiros.

-Hai ocasións en que son igual a mamá; se esperto cústame coller o sono, dou voltas na cama sen parar, érgome, acendo unha vela, paseo, volto a deitarme e xa está.

-Foi o que lle pasou hoxe.

-Non, non - dixo ela.

Non entendín a negativa; pode ser que ela tampouco a entendese. Agarrou as puntas do cinto da bata e comezou a dar con elas nos xeonllos, é dicir, no xeonllo dereito, porque acababa de cruzar as pernas. Despois falou dunha historia de soños e aseguroume que tivera un pesadelo, cando era pequena. Quixo saber se eu os tiña. A conversa restabeleceuse así lentamente, longamente, sen que eu reparase nin na hora nin na misa. Cando acababa unha narración ou unha explicación, ela inventaba outra pregunta ou outro tema, e eu tomaba de novo a palabra. De cando en vez reprimíame:

-Máis baixo, máis baixo.

Tamén había unhas pausas. En dúas ou tres ocasións pensei que quedara durmida, pero os seus ollos pechados por un intre abríanse de novo, sen sono nin fatiga, como se os pechase para ver mellor. Unha desas veces, penso que se deu conta que quedara embebedado coa súa persoa, e lembro que voltara pechar os ollos, non sei se rápido ou devagar. Hai impresións desa noite que me aparecen truncadas ou confusas. Contradígome, confúndome. Unha desas impresións que aínda teño recentes é que, de súpeto, ela, que só era simpática, tornouse fermosa, moi fermosa. Estaba de pé, cos brazos cruzados; eu, por respecto, quixen erguerme ; non o permitiu, puxo unha das súas mans no meu ombro, e obrigoume a permanecer sentado. Pensei que ía dicir algo, pero tremeu, como se tivese un calafrío, deume as costas e foi sentar na cadeira, onde me atopara lendo. Dende alá, volveu a mirar ao espello que estaba encima do canapé, falou de dous gravados que colgaban da parede.

-Estes cadros van para vellos. Xa lle dixen a Chiquiño de mercarmos outros.

Chiquiño era o home. Os cadros falaban do negocio principal deste home. Un representaba a "Cleopatra"; non lembro o tema do outro, pero eran mulleres. Vulgares os dous; daquela non me parecían feos.

-Son bonitos -dixen.

-Son bonitos, pero están manchados. E ademais, para sermos sinceros, eu preferiría dúas imaxes, dúas santas. Estes cadros son máis propios do cuarto dun rapaz ou dun barbeiro.

-De barbeiro? Vostede nunca foi a unha barbería.

-Pero imaxino que os clientes, mentres esperan, falan de mulleres e das súas namoradas, e naturalmente o dono do negocio alegra a vista con figuras bonitas. Nunha casa non me parece apropiado. É o que penso; pero eu penso moitas cousas; así, raras. Sexa o que sexa, non me gustan os cadros. Eu teño unha A nosa Señora da Concepción, a miña patroa, moi bonita; pero é unha escultura, non se pode pór na parede, nin quero. Está no meu oratorio.

A idea do oratorio levoume ao tema da misa, lembroume que podería ser tarde e quixen dicilo. Penso que cheguei a abrir a boca, pero axiña a pechei para escoitar o que ela contaba, con ledicia, con graza, con tal tranquilidade que lle transmitía preguiza á miña alma facéndome esquecer da misa e da igrexa. Falaba das súas devocións de infancia e moza. Despois referíase a unhas anécdotas, historias de paseos, reminiscencias da illa Paquetá, todo mesturado, case sen interrupcións. Cando se fartou do pasado, falou do presente, dos asuntos da casa, dos coidados da familia que, desde antes de casar, xa lle dixeran que eran moitos, pero non eran nada. Non mo contou, pero eu sabía que casara aos vinte e sete anos.

E agora non cambiaba de lugar, como ao principio, e case non saíra da mesma actitude. Non tiña os grandes ollos longos, e comezou a mirar sen parar cara ás paredes.

-Temos que cambiar o papel da sala -dixo pouco despois, como se falase consigo mesma.

Concordei para dicir algunha cousa, para saír da especie de soño magnético, ou o que fose que me paralizaba a lingua e os sentidos. Quería e non quería acabar a conversa; facía un esforzo para desviar a miña mirada dela, e desviábaa por un sentimento de respecto; pero a idea de que parecese un aburrimento, cando non o era, levábame de novo a mirada cara a Concepción. A conversa morría. Na rúa, o silencio era total.

Chegamos a quedar un momento -non podo dicir canto- completamente calados. O ruído, único e escaso, era un roer de rato no despacho, que me lembrou aquela especie de sono; quixen falar diso, pero non atopei maneira. Concepción parecía estar divagando. De repente, oín un golpe na fiestra, por fóra, e unha voz que berraba: "Misa do galo!, misa de galo!"

-Aí anda o seu socio, dixo ela erguéndose, ten graza; vostede era quen tiña que ir espertalo, e é el quen veu avisalo. Vaia, xa debe ser a hora; adeus.

-Xa será a hora? -preguntei.

-Claro.

-Misa do galo! -repetiron dende fóra, petando.

-Vaia, vaia, non se faga esperar. A culpa foi miña. Adeus, até mañá.

E co mesmo movemento corporal, Concepción entrou polo corredor, pisaba mansamente. Saín á rúa e atopei ao veciño que me esperaba. Dirixímonos á igrexa. Durante a misa, a figura de Concepción interpúxose máis dunha vez entre o cura e mais eu; que se perdoe isto polos meus dezasete anos. Á mañá seguinte, na comida, falei da misa do galo e da xente que estaba na igrexa, sen excitar a curiosidade de Concepción. Durante o día atopeina coma sempre, natural, benigna, sen nada que fixese lembrar a conversa da véspera. Para Aninovo fun a Mangaratiba. Cando voltei a Río de Xaneiro, en marzo, o notario morrera dunha apoplexía. Concepción vivía en Engeño Novo, pero non a visitei, nin a atopei. Máis tarde oín dicir que casara co escribente xurado que traballaba co seu home.

 

 

O ALIENISTA

 

CAPÍTULO PRIMEIRO

De como Itaguaí conseguiu

unha casa de tolos

As crónicas da cidade de Itaguaí din que tempos atrás viviiu alí un certo médico, o doutor Simón Bacamarte, fillo da nobreza da terra e un dos mellores médicos de Brasil, de Portugal e das Españas. Estudara en Coimbra e Pádua. Aos trinta e catro anos volveu para Brasil, o rei non conseguira convencelo para que quedase en Coimbra á fronte da Universidade, ou en Lisboa, para encargarse dos asuntos da monarquía.

-A ciencia -díxolle el á Súa maxestade- é ao que me dedico eu; Itaguaí é o meu universo.

Dito isto, volveu para Itaguaí, e entregouse en corpo e alma ao estudo da ciencia, alternando as curas coas lecturas, e demostrando os teoremas con cataplasmas. Aos corenta anos casou coa señora Evarista da Costa e Mascareñas, señora de vinte e cinco anos, viúva dun xuíz que viña de fóra, non era fermosa nin simpática. Un dos tíos do xuíz, cazador de pacas durante o Eterno, e non menos franco, sorprendeuse da decisión que tomara e díxollo. Simón Bacamarte explicoulle que dona Evarista reunía condicións fisiolóxicas e anatómicas de primeira orde, dixería con facilidade, durmía regularmente, tiña un bo pulso e unha excelente vista; estaba, entón, apta para darlle fillos robustos, sans e intelixentes. Se ademais destes atributos -únicos dignos de preocupación por parte dun sabio- dona Evarista era mal composta de faccións, iso era algo que, lonxe de mancalo, el agradecíallo a Deus, porque non corría o risco de adiar os intereses da ciencia en favor da contemplación exclusiva, miúda e vulgar da consorte.

Dona Evarista non cumpriu coas esperanzas do doutor Bacamarte: non lle deu fillos robustos nin débiles. A índole natural da ciencia é a longanimidade; o noso médico agardou tres anos, despois catro, cinco. Ao cabo deste tempo, fixo un estudo profundo da materia, releu todos os escritos árabes e outros que trouxera a Itaguaí, consultou coas universidades italianas e alemás, e aconselloulle á súa muller que se sometese a un réxime alimentario especial. A ilustre dama, alimentada só a base dunha tenra carne de porco de Itaguaí, non lle fixo caso aos consellos do marido; e á súa resistencia -explicábel pero incualificábel- debémoslle a total extinción da dinastía dos Bacamartes.

Pero a ciencia ten o inefábel don de curar todas as penas; o noso médico dedicouse a tempo completo ao estudo e á práctica da medicina. Foi entón cando un dos recunchos desta ciencia lle chamou especialmente a atención: a psicoloxía, o exame da patoloxía cerebral. Non había na colonia, e nin sequera no reino, unha soa autoridade neste eido, mal explorada ou case inexplorada. Simón Bacamarte entendeu que a ciencia lusitana e, particularmente, a brasileira, podía cubrirse de "loureiros que non murchan"... expresión usada por el mesmo, axudada pola intimidade doméstica; exteriormente era modesto, como convén aos coñecedores.

-A saúde da alma –dixo el- é a ocupación máis digna do médico.

-Do verdadeiro médico -engadiu Crispín Soares, farmacéutico da cidade, e un dos seus amigos e comensais.

O Concello de Itaguaí foi acusado, entre outros pecados, polos cronistas de ser indiferente aos dementes. Cando había algún tolo furioso pechábano nun cuarto da súa propia casa e, nin era atendido nin desatendido, até que a morte o prohibía do beneficio da vida; en cambio os mansos andaban soltos pola rúa. Simón Bacamarte decidiu cambiar as cousas, é dicir, eliminar este costume inhumano; pediu autorización ao Concello para dar abrigo e coidar, no edificio que ía construír, a todos os tolos de Itaguaí e das demais vilas e cidades, mediante unha paga que o Concello lle daría cando a familia do enfermo non o puidese facer. A proposta excitou a curiosidade de toda a cidade, e atopouse cunha grande resistencia, tan certo é que se desarraigan os hábitos absurdos ou aínda malos. A idea de meter a todos os tolos na mesma casa, vivindo en común, pareceu en si mesmo un síntoma de demencia, e non faltou quen llo insinuase á propia muller do médico.

-Escoite, señora Evarista -díxolle o padre Lopes, párroco do lugar-, penso que o seu marido tería de ir até Río de Xaneiro para dar un paseo. Iso de estar estudando sen descanso non é bo, acabará por tolear.

Dona Evarista asustouse, foi falar co seu marido, díxolle que tiña "algúns desexos", un principalmente, o de ir ao Río de Xaneiro e comer todo o que a el lle parecese adecuado para conseguir un certo fin. Pero aquel home, coa rara sagacidade que o distinguía, entendeu a intención da esposa e respondeulle sorrindo que non tivese medo. Dende aí dirixiuse ao Concello, onde os concelleiros debatían a proposta, e defendeuna con tanta elocuencia que a maioría resolveu autorizalo para levar a cabo o seu proxecto, votando ao mesmo tempo un imposto destinado a subsidiar o tratamento, aloxamento e mantemento dos tolos pobres. Non foi nada fácil determinar quen sería o organismo que subvencionaría tal proxecto, xa que todo estaba tributado en Itaguaí. Despois de longos estudos, decidiuse permitir o uso de dous penachos nos cabalos dos enterros. Quen quixese emplumar os cabalos dunha carroza funeraria pagaría dous testóns ao Concello, repetíndose tantas veces esa cantidade cantas fosen as horas transcorridas entre a hora do falecemento e a hora da última beizón na sepultura. O notario perdeuse nos cálculos aritméticos do rendemento posíbel da nova taxa; e un dos concelleiros que non cría na empresa do médico, pediu que se relevase ao notario dun traballo inútil.

-Os cálculos non son precisos -dixo el-, porque o doutor Bacamarte non ten un proxecto definido. Ademais, onde se viu meter a todos os tolos na mesma casa?

Enganaba o digno maxistrado; o médico arranxou todo para que así fose. Cando obtivo a licenza, comezou a construír o edificio que estaría situado na Rúa Nova, a rúa máis bonita daqueles tempos; tiña cincuenta fiestras de cada lado, un patio central e numerosos cuartos para os hóspedes. Como se fose un grande arabista, lembrou que no Corán, Mahomet consideraba venerábeis aos tolos, polo feito de que Alá lles sacara o xuízo para que non pecasen. A idea pareceulle bonita e profunda, e mandouna gravar no frontispicio da casa; pero como lle tiña medo ao párroco, e indirectamente ao bispo, atribuíu o pensamento a Bieito VIII, merecéndose por esta fraude, máis ben piadosa, que o padre Lopes lle contase, durante o xantar, a vida daquel pontífice eminente.

Casa Verde foi o nome dado ao asilo, por alusión á cor das fiestras, que eran as primeiras en aparecer con esa cor en Itaguaí. Inaugurouse cunha grande festa; veu xente de todas as vilas e poboados veciños, e incluso afastadas, mesmo de Río de Xaneiro, para asistir ás cerimonias, que duraron sete días. Moitos dementes xa estaban internados; e os parentes tiveron oportunidade de ver o agarimo paternal e a caridade cristiá con que se ían atender. Dona Evarista, contentísima do éxito do seu home, vestiuse luxosamente, cubríndose de xoias, flores e sedas. Ela foi unha verdadeira raíña naqueles días memorábeis; visitárona dúas ou tres veces, a pesar dos costumes caseiros e recatadas do século, eloxiábana e incluso a agasallaban; e iso era algo honroso para a sociedade da época- vían nela á feliz esposa dun alto espírito, dun varón ilustre e, se lle tiñan envexa, era a santa e nobre envexa dos admiradores.

Ao cabo de sete días acabaron as festas públicas; Itaguaí tiña finalmente unha casa de tolos.

 

CAPÍTULO II

Idoiro de tolos

Tres días despois, nunha conversación sincera co farmacéutico Crispín Soares, o alienista desvendou o misterio do seu corazón.

-A caridade, señor Soares, entra seguro no meu procedemento, pero entra como un adobio, como o sal das cousas, que é así como interpreto o dito por San Pablo aos corintios: "Se eu coñecese todo o que se pode saber e non tivese caridade, non sería nada." O principal nesta obra miña da Casa Verde é estudar profundamente a loucura, os seus diversos graos, clasificar os casos, descubrir a causa do fenómeno e o remedio universal. Este é o misterio do meu corazón. Creo que con isto préstolle un bo servizo á humanidade.

-Un excelente servizo -engadiu o farmacéutico.

-Sen este asilo –seguiu o alienista-, pouco podería facer; grazas a el podo ampliar os meus coñecementos neste eido.

-Sen dúbida -dixo o outro.

E tiñan razón. De todas as cidades e aldeas veciñas afluían tolos á Casa Verde. Fosen furiosos, mansos, monomaníacos e toda a familia dos desherdados do espírito. Ao cabo de catro meses, a Casa Verde era unha poboación. Os primeiros cuartos non chegaron; foi preciso anexar unha galería de trinta e sete máis. O padre Lopes confesou que nunca creu que había tantos tolos no mundo, e menos aínda o inexplicábel dalgúns casos. Por exemplo, ese do rapaz ignorante e miserábel, que todos os días despois do xantar pronunciaba regularmente un discurso académico, adornado con sensos figurados, antíteses, apóstrofes, préstamos do grego e do latín, e as súas palabras tomadas de Cicerón, Apuleio e Tertuliano. O párroco non daba creto. Un rapaz que vira tres meses atrás, xogando cunha pelota na rúa, como podía ser iso posíbel.

-Non digo que non -respondíalle o alienista-; pero a verdade é o que a vosa eminencia está observando. Isto é así todos os días.

-Con respecto a min -seguiu o párroco-, só se pode explicar pola confusión de linguas na Torre de Babel, segundo nos din as Escrituras; probabelmente, confundidas as linguas na antigüidade, é fácil cambialas agora, e máis se a razón traballa...

 

-Esa pode ser, efectivamente, a explicación divina do fenómeno -concordou o alienista, despois de reflexionar un intre-, pero non é imposíbel que haxa tamén algunha razón humana, e puramente científica; iso é o que intento saber...

-Eu penso que é así, e estou ansioso por saber se é realmente así!

Os tolos por amor eran tres ou catro, pero só dous son os que asustaban polo seu delirio.

Un deles, o chamado Falcón, rapaz de vintecinco anos, pensaba que era a estrela da alba, abría os brazos e as pernas para parecerse aos lóstregos, e quedaba así horas preguntando se o sol xa saíra, para así marchar O outro andaba decote, decote,decote, de sala en sala ou de patio en patio, polos corredores, na busca da fin do mundo. Era un desgraciado, a súa muller abandonárao para marchar cun pendón. Cando se decatou da fuga, colleu un trabuco e marchou na súa procura; atopounos dúas horas despois, ao pé dunha lagoa, matounos aos dous a sangue frío e con toda a crueldade.

Os celos víronse satisfeitos, pero o vingado toleou. E entón veulle esa ansia de ir até o fin do mundo á procura dos fuxitivos.

Esa manía de grandezas contaba con factores notábeis. O máis curioso era un pobre infeliz, fillo dun xastre de pouco nivel, que lle narraba ás paredes (porque nunca miraba de fronte a unha persoa) toda a súa xenealoxía, que era a seguinte:

-Deus procreou un ovo, o ovo procreou a espada, a espada procreou a David, David procreou a púrpura, a púrpura procreou ao duque, o duque procreou ao marqués, o marqués procreou ao conde, que son eu.

Dábase un golpe na cabeza, facía estalaba os dedos e repetía cinco ou seis veces seguidas:

-Deus procreou un ovo, o ovo, etc.

Outro do seu mesmo gremio era un notario, que se facía pasar por mordomo do rei; tamén estaba un boieiro do Estado de Minas, cuxa teima era a de distribuír gando entre todos os que o rodeaban, a un dáballe trescentas cabezas, seiscentas a outro, mil douscentos a outro, e non acababa nunca. Non falo dos casos de monomanía relixiosa; só falarei dunha persoa que, se chamaba Xoán de Deus, dicía agora ser o deus Xoán, e prometía o reino dos ceos a quen o adorase, e as penas do inferno aos restantes; e despois deste tamén estaba, o licenciado García, que non dicía nada, porque imaxinaba que o día que chegase a propor unha soa palabra, todas as estrelas se desprenderían do ceo e abrasarían a terra; tal era o poder que recibira de Deus. Así o escribía el no papel que o alienista mandou entregarlle , menos por caridade que por interese científico.

Certo é que a paciencia do alienista era aínda máis extraordinaria que todas as manías hospedadas na Casa Verde e tan asombrosa como elas. Simón Bacamarte comezou por organizar un persoal de administración; e aceptando esa idea do farmacéutico Crispín Soares, aceptoulle tamén dous sobriños, terían a encomenda da execución das normas, aprobadas polo Concello, da distribución da comida e da roupa. Era o mellor que podía facer, así só se ocuparía do seu oficio. -A Casa Verde -díxolle ao párroco-, é agora unha especie de mundo, no que hai un goberno temporal e un goberno espiritual.

E o padre Lopes ría desta broma inconsciente, e engadiu, co único fin de dicir tamén algo gracioso:

-Xa verá vostede; heino denunciar perante o papa.

Unha vez exonerado dos problemas administrativos, o alienista procedeu a realizar unha vasta clasificación dos seus enfermos. Dividiunos primeiramente en dúas clases principais: os furiosos e os mansos; de aí pasou ás subclases, monomanías, delirios, alucinacións diversas. Feito isto, comezou cun estudo duro e constante; analizaba os hábitos de cada tolo, as horas das alucinacións, as aversións, as palabras, os xestos, as tendencias; especulaba coa vida toda dos enfermos, profesión, costumes, circunstancias da revelación mórbida, traumas infantís e da mocidade, doenzas doutro teor, antecedentes familiares; unha pesquisa, en definitiva, un traballo que nin un maxistrado sería quen de facer. E cada día reparaba nunha cousa nova, unha descuberta interesante, un fenómeno extraordinario. Ao mesmo tempo estudaba o mellor réxime, as substancias medicamentosas, os medios curativos e os recursos paliativos, non só os que proviñan dos seus amados árabes, senón os que tamén el descubrira, a forza de sagacidade e paciencia. Hai que dicir, que todo este traballo ocupaba o mellor e a maior parte do seu tempo. Durmía pouco e case non comía; e se comía era como se traballase, porque ou ben consultaba un texto antigo, ou cavilaba nunha cuestión, e ía moitas veces dun lado para outro do salón sen falar nada con dona Evarista.

 

 

CAPÍTULO III

Deus sabe o que fai!

A ilustre dama, ao cabo de dous meses, sentiuse a máis desgrazada das mulleres; caeu nunha profunda melancolía, púxose amarela, adelgazou, comía pouco e suspiraba constantemente. Non ousaba darlle ningunha queixa ou reproche, porque respectaba ao seu home e marido, pero padecía calada, e consumíase claramente. Un día, durante a cea, despois do marido preguntarlle que lle pasaba, ela respondeu tristemente que nada; despois atreveuse un pouco, e estivo por dicirlle que se consideraba tan viúva como antes. E dixo:

-Quen había de dicir que media ducia de lunáticos...

Non acabou a frase; ou mellor, acabouna mirando cara ao teito, os ollos que eran a facción máis insinuante, negros, grandes, lavados por unha luz húmida, como os da aurora. No tocante ao xesto, era o mesmo que empregara o día en que Simón Bacamarte a pediu en casamento. As crónicas non din se dona Evarista moveu aquela arma coa perversa intuición de degolar dunha vez a ciencia, ou, polo menos mutilarlle as mans; pero a conxectura era verosímil. En todo caso, o alienista non lle atribuíu outra intención. E o grande home non se enfadou, nin sequera quedou consternado. O metal dos seus ollos non deixou de ser o mesmo metal, duro, liso, eterno, nin a menor enruga veu romper a superficie da fronte, queda como a auga de Botafogo. Se callar, un sorriso lle abriu os beizos, nos que se filtrou esta palabra suave como o aceite do Cántico:

-Vale, consinto ese paseo a Río de Xaneiro.

Dona Evarista sentiu que lle faltaba o chan debaixo dos pés. Endexamais vira Río de Xaneiro, que non era nin unha pálida sombra do que é hoxe, sen dúbida, era algo máis fermoso que Itaguaí. Ver Río de Xaneiro, para ela, equivalía ao soño do hebreo cautivo.

Sobre todo agora que o home se asentara naquela cidade do interior, agora que ela perdera as últimas esperanzas de respirar os aires da nosa boa cidade; xustamente agora é cando a convidaba para realizar os seus desexos de nena e rapaza. Dona Evarista non puido disimular o pracer que lle produciu tal proposta. Simón Bacamarte colleuna da man e sorriu -un sorriso un tanto filosófico, ademais de conxugal-, no que parecía traducirse este pensamento: - "Non hai un remedio válido para as dores da alma; esta señora murcha, pensa que non a amo; ofrézolle unha viaxe a Río de Xaneiro e consólase." E sabendo como era, un home estudoso, tomou nota da observación.

Pero un dardo atravesou o corazón de dona Evarista. Contívose, sen embargo, limitouse a dicirlle ao home que se el non ía ela tampouco iría, porque non estaba disposta a andar soa polo mundo adiante.

-Has ir coa túa tía -replicou o alienista.

Dona Evarista xa pensara niso; pero non quería pedirllo nin insinuarllo, en primeiro lugar porque sería imporlle grandes gastos ao home, e en segundo lugar porque era mellor, a proposta sería máis metódica e racional se saíse del.

-Oh, pero haberá que gastar tanto diñeiro! -suspirou dona Evarista sen convicción.

-Que máis dá? gañamos moito -dixo o home-. Xustamente onte o xestor presentoume as contas. Quérelas ver?

E levouna até onde estaban os libros. Dona Evarista sentiuse abraiada. Era unha vía láctea de algoritmos. E despois levouna até as arcas, onde estaba o diñeiro. Meu Deus!, eran montes de ouro, eran cartos sobre cartos, eran dobróns sobre dobróns; era a riqueza.

Mentres ela devoraba o ouro cos seus ollos negros, o alienista mirábaa, e dicíalle ao oído coa máis pérfida das indirectas:

-Quen había de dicir que media ducia de lunáticos...

Dona Evarista entendeu, sorriu e respondeu con moita resignación:

-Sabe Deus!

Tres meses despois chegou o día da viaxe. Dona Evarista, a tía, a muller do farmacéutico, un sobriño deste, un cura que o alienista coñecera en Lisboa, e que se atopaba casualmente en Itaguaí, cinco ou seis serventes, catro escravas, tal foi a comitiva que a poboación viu saír de alá unha mañá do mes de maio. As despedidas foron tristes para todos, menos para o alienista. Sen embargo, as bágoas de dona Evarista, que foron abundantes e sinceras, non chegaron a conmovelo. Home de ciencia e só de ciencia, nada o consternaba fóra da ciencia; e se algo o preocupaba naquela ocasión, mentres el deixaba correr sobre a multitude unha mirada inquieta e policial, non era outra cousa que a idea de que algún tolo podería estar aí, camuflado entre as persoas de bo xuízo.

-Adeus! -choraron finalmente as damas e o farmacéutico.

E a comitiva marchou. Crispín Soares, ao volver para casa, traía a mirada perdida entre as dúas orellas do cabalo no que viña montado; Simón Bacamarte miraba cara ao horizonte afastado, deixándolle ao cabalo toda responsabilidade da viaxe de regreso. Imaxe viva do xenio e das persoas! Un mira o presente con todas as súas bágoas e morriñas, outro indaga o futuro con todas as auroras.

CAPÍTULO IV

Unha nova teoría

Mentres dona Evarista, chea de bágoas, ía á procura de Río de Xaneiro, Simón Bacamarte estudaba unha idea atrevida e nova, a finalidade era ensanchar as bases da psicoloxía. Todo o tempo libre que lle sobraba despois de atender a Casa Verde, era pouco para andar na rúa ou andar de casa en casa conversando coa xente sobre trinta mil asuntos e recalcando nas palabras cunha mirada que metía medo aos máis coraxosos.

Unha mañá -tres semanas máis tarde- estando Crispín Soares ocupado na preparación dun medicamento, viñeron dicirlle que o alienista preguntaba por el.

-Trátase dun asunto importante, segundo mo dixo - engadiu o mensaxeiro.

Crispín tornouse pálido. Que asunto importante podía ser, a non ser que fose unha nova triste da comitiva e especialmente da muller? Porque este tópico debe ficar claramente definido, xa que nel insisten os cronistas: Crispín amaba á súa muller, e nos trinta anos que levaban casados non se separaran un só día. Así se explican os monólogos que facía e que os seus serventes oian moitas veces: "Moi ben! Quen che mandou consentir a viaxe de Cesárea? Gabador, torpe gabador! Consentíchelo só por interese, gabando ao doutor Bacamarte. Pois agora aguántate; iso é, aguántate, alma de lacaio, covarde, vil, miserábel. Aceptas todo, verdade? Aí tes o resultado, desgraciado!" E moitos máis cousas, que non se debe dicir a ninguén, e moito menos a si mesmo. De aquí a imaxinar o efecto da mensaxe non hai máis ca un paso. Tan pronto o recibiu como desistiu das drogas e voou á Casa Verde.

Simón Bacamarte recibiuno coa alegría propia dun sabio, unha alegría abotoada de circunspección até o pescozo.

-Estou moi contento -dixo el.

-Ten novas dos nosos? -preguntou o farmacéutico con voz tremorosa.

O alienista fixo un xesto magnífico, e respondeu:

-Trátase de algo máis importante, ten que ver cunha experiencia científica. Digo experiencia, porque non me atrevo a asegurar dende xa a miña idea; nin a ciencia é outra cousa, señor Soares, ca unha investigación constante. Trátase entón, dunha experiencia, pero dunha experiencia que vai cambiar a face da terra. A loucura, obxecto dos meus estudos, era até agora unha illa perdida no océano da razón; comezo a sospeitar que é un continente.

Dixo isto e, calou para observar o abraio do farmacéutico. Despois explicou, minuciosamente, a súa idea. No seu concepto, a demencia mental abranguía unha ampla superficie de cerebros; e desenvolveu isto cunha morea de razoamentos, de citas, de exemplos. Os exemplos atopounos na historia e en Itaguaí; pero, sabendo como era, un espírito pouco común, recoñeceu o perigo de citar todos os casos de Itaguaí, e refuxiouse na historia. De tal xeito, que citou algúns personaxes importantes, como Sócrates, que tiña un demo familiar; Pascal, que vía un abismo á súa esquerda; Mahoma, Caracala, Domiciano, Calígula, etc., unha serie de casos e persoas coas que se mesturaban entre si, aparecendo deste xeito entidades odiosas, e entidades ridículas. E como o farmacéutico se mostrou tan perdido, ante semellante promiscuidade, o alienista dixo que todo era o mesmo, e incluso engadiu sentenciosamente:

-A ferocidade, señor Soares, é grotesco, dígollo seriamente.

-Gracioso, moi gracioso! -exclamou Crispín Soares levantando as mans ao ceo.

Con respecto á idea de ampliar o eido da loucura, o farmacéutico atopouna extravagante; pero a modestia, principal atributo do seu espírito, non lle permitiu confesar outra cousa máis alá dun nobre entusiasmo; declarouna sublime e verdadeira, e engadiu que era "digna de festexala". Esta expresión non ten equivalente no estilo moderno. Daquela, Itaguaí, como as demais cidades, aldeas e poboados da colonia non contaba cunha prensa, tiña dúas maneiras de divulgar unha noticia: ou mediante anuncios manuscritos e chantados nas portas do Concello e da igrexa; ou por medio dunha festa. Eis no que consistía o segundo recurso. Contratábase un home, por un ou máis días, para que percorrese as rúas do lugar, cunha carraca na man.

De cando en vez tocaba a carraca, reuníase a xente, e el anunciaba o que lles interesaba -un remedio para as febres, boas terras para o cultivo, un soneto, un donativo eclesiástico, a mellor tesoira da cidade, o mellor discurso do ano, etc. O sistema tiña inconvenientes para a tranquilidade da xente; pero era conservado pola grande enerxía de divulgación que posuía. Por exemplo, un dos concelleiros –aquel xustamente que máis se opuxera á creación da Casa Verde - gozaba da reputación de perfecto educador de cobras e monos, e certo é, que nunca amestrara ningún deses bechos; pero, tiña o coidado de facer traballar a carraca todos os meses. E din as crónicas que algunhas persoas afirmaban ter visto cascabeis bailando no peito do concelleiro; afirmación perfectamente falsa, pero só debida á absoluta confianza no sistema. Certo, certo; non todas as institucións do antigo réxime merecen o desprezo do noso século.

-Hai algo mellor que anunciar a miña idea, pola en práctica -respondeu o alienista á insinuación do farmacéutico.

E o farmacéutico, que non diverxía sensibelmente deste modo de ver as cousas, díxolle que si, que é mellor comezar pola súa execución.

-Sempre haberá tempo de anuncialo -rematou el. Simón Bacamarte reflexionou aínda un intre máis e dixo:

-Supondo que o espírito humano fose unha vasta concha, a miña finalidade, señor Soares, é ver se podo extraer a perla, que é a razón; noutros termos, demarquemos definitivamente os límites entre a razón e a loucura. A razón é o perfecto equilibrio de todas as facultades; aínda que fose demencia, demencia, e só demencia.

O párroco Lopes, que é a persoa á que lle confiou a nova teoría, confesou, de maneira sutil, que non conseguía entendela, que era unha obra absurda, e, se non era absurda, era colosal e que non paga a pena pola en marcha.

- Coa definición actual, que é a de todos os tempos, engadiu, a loucura e a razón están perfectamente delimitadas. Sábese onde remata unha e onde comeza a outra. Porque teriamos que traspor o cercado?

Sobre o beizo fino e discreto do alienista parecía verse unha vaga sombra dunha intención de sorriso, na que o desdén viña xunguido á conmiseración; pero ningunha palabra saíu das súas notábeis entrañas. A ciencia contentouse con estender a man á teoloxía - con tal seguridade que a teoloxía non soubo finalmente se debía crer en si mesma ou na outra. Itaguaí e o universo estaban á beira dunha revolución.

CAPÍTULO V

O terror

Catro días despois, a poboación de Itaguaí escoitou consternada a noticia de que un tal Costa fora internado na Casa Verde.

— Imposíbel!

— De imposíbel nada! Foi internado hoxe pola mañá.

— Pero, a verdade é que non o merecía... Aínda por riba! Despois de todo o que fixo...

Costa era un dos cidadáns máis queridos de Itaguaí. Herdara catrocentos mil cruzados en moeda auténtica do Rei Don Xoán V, cartos cuxa renda abondaba, segundo lle declarou o tío no testamento, para vivir sen preocupacións "até a fin da vida".

En canto tivo a herdanza nas súas mans comezou a dividila en empréstitos sen usura, mil cruzados a un, dous mil a outro, trescentos a estes, oitocentos a aquel, até tal punto, que ao cabo de cinco anos, quedou sen nada. Se a miseria chegase de golpe, o asombro de Itaguaí sería enorme; pero chegou devagar; foi pasando da opulencia á abundancia, da abundancia a un termo medio, do termo medio á pobreza, da pobreza á miseria, gradualmente. Ao cabo daqueles cinco anos, todos os que até entón sacaran o sombreiro ao velo pasar, así como se asomaba polo final da rúa, agora palmeábanlle o ombreiro, con intimidade, dábanlle golpiños no nariz, bromas de mal gusto. E Costa sempre tranquilo, risoño. Nin se lle ocorría pensar que os menos corteses eran xustamente os que aínda mantiñan débedas con el; ao contrario, parecía que os trataba con maior pracer, e máis sublime resignación. Un día, como un deses incurábeis debedores lle fixese unha mofa pesada, e el rise dela, observou un inimigo?, con certa perfidia: —"Ti aturas a este tipo para ver se che paga". Costa non vacilou un intre. Foi a casa do debedor e perdooulle a débeda. —"Non ten nada de raro, respondeu o outro; Costa deixou escapar unha estrela que está no ceo". Costa era perspicaz, entendeu que negaba todo valor ao seu acto, atribuíndolle a intención de rexeitar o que non lle viñan meter no peto. Era tamén vergoñoso e imaxinativo: dúas horas máis tarde atopou un medio de probar que non podía con semellante deshonra; colleu algúns dobróns e envioullos como empréstito ao debedor.

—Agora espero que... — pensou sen rematar a frase.

Esta última acción de Costa persuadiu a crédulos e incrédulos; ninguén máis puxo en dúbida os sentimentos cabaleirescos daquel digno cidadán. As necesidades máis ocultas saíron á rúa, foro petar a súa porta, coas súas chinelas vellas e as súas capas remendadas. Un verme mentres tanto roía a alma de Costa: era o concepto do desafecto. Pero iso mesmo acabou; tres meses máis tarde foille pedir uns cento vinte cruzados coa promesa de llos devolver en dous días; pouco máis ou menos, era o que quedaba da grande herdanza, pero era tamén unha nobre compensación: Costa emprestoulle o diñeiro de inmediato e sen xuros. Desgraciadamente non tivo tempo de que lle pagasen; cinco meses despois era internado na Casa Verde.

Imaxine a consternación de Itaguaí, cando se decatou do ocorrido. Non se falou doutra cousa, dicíase que Costa toleara durante o xantar, outros que de madrugada, e narrábanse as chegadas, que eran furiosas, sombrías, terríbeis; ou mansas, e até graciosas segundo as versións. Moita xente correu á Casa Verde, e atopou ao pobre Costa tranquilo, un pouco asustado, falando con moita claridade e preguntando por que razóns o levaran para alí. Algúns foron ver ao alienista. Bacamarte aprobaba eses sentimentos de estima e compaixón, pero engadía que a ciencia era a ciencia, e que el non podía deixar na rúa a un tolo. A última persoa que intercedeu por el (porque despois do que vou contar ninguén máis se atreveu a recorrer ao terríbel médico) foi unha pobre señora, curmá de Costa. O alienista díxolle confidencialmente que aquel digno home non estaba en perfecto estado das facultades mentais, visto o xeito en que disipara os bens que...

— Iso non! Iso non! —interrompeu a boa señora con enerxía—. Se el gastou tan rápido o que recibiu, a culpa non foi súa.

— Ai non?

— Non, señor. Eu direille que foi o que pasou. O meu defunto tío non era un mal home; pero cando estaba furioso era capaz de non quitar o sombreiro nin ante o Santísimo. Pois ben, un día, pouco tempo antes de morrer, descubriu que un escravo lle roubara un boi; imaxine como se puxo. A súa cara parecía un pemento; tremía de pés á cabeza, botaba espuma pola boca, lembro coma se fose hoxe. Entón un home feo, guedelludo, en mangas de camisa, achegouse a el e pediulle auga. O meu tío (Deus o teña na gloria!) respondeulle que fose a beber ao río ou ao inferno. O home fitouno, abriu a man nun xesto de ameaza, e lanzoulle esta maldición:

— "Todos os seus cartos non lle haberán de durar máis de sete anos e un día, tan certo como que esta é "a estrela de Salomón"! E amosou a estrela de Salomón que tiña tatuada nun brazo. Foi iso, señor! Foi a praga daquel maldito!

Bacamarte chantou na pobre señora un par de ollos afiados coma puñais. Cando ela acabou, estendeulle a man educadamente coma se o fixese á mesmísima muller do vicerrei e convidouna para ir falar co curmán. A miserábel creulle; el levouna a Casa Verde e pechouna na galería dos alucinados.

A noticia desta aleivosía do ilustre Bacamarte encheu de terror a alma da poboación. Ninguén quería crer, sen motivos, sen inimizade, que o alienista encerrase na Casa Verde a unha señora perfectamente axuizada, que non cometera outro crime co de intermediar por un infeliz. Comentábase o acontecido en todas as esquinas, nas barberías; creouse unha novela, algunhas atencións apaixonadas que o alienista outrora tivera coa prima de Costa, a indignación de Costa e o desprezo da curmá. De aí a vinganza. Estaba claro. Pero a austeridade do alienista, a vida dedicada ao estudo que levaba, parecían desmentir tal hipótese. Contos! Todo iso era, naturalmente, unha fachada para agochar algo. E un dos máis crédulos chegou a insinuar que estaba ao tanto doutras cousas pero que non as ía dicir, por non ter absoluta certeza sobre elas, pero coñecíaas, até o podería xurar.

— Vostede, que é o seu amigo, non nos podería dicir o que hai, o que houbo, os motivos...

Crispín Soares derretíase todiño. Ese interrogatorio da xente inquieta e curiosa, dos amigos abraiados, era para el unha consagración pública. Non había dúbida: toda a poboación sabía por fin que o home de confianza do alienista era el, Crispín, o farmacéutico, o colaborador do grande home e das grandes cousas, de aí os desprazamentos á farmacia. Todo iso víase na súa cara de ledicia e no riso discreto do farmacéutico, no riso e no silencio, porque el non dicía nada; un, dous, tres monosílabos, como moito, soltos, secos, encubertos polo fiel sorriso, constante e miúdo, cheo de misterios científicos, que el non podía, sen descrédito nin perigo, revelar a ningún ser humano.

— Algo hai, pensaban os máis desconfiados.

Un deles limitouse a pensalo, encolleu os ombros e marchou. Tiña asuntos persoais que resolver. Acababa de construír unha casa suntuosa. A casa por si soa era motivo suficiente para convocar á xente; pero había algo máis- o mobiliario, que el mandara traer de Hungría e de Holanda, segundo contaba, e que se podía ver desde a rúa, porque as fiestras vivían abertas, e o xardín, que era unha obra mestra da arte e do bo gusto. Este home que se enriquecera coa fábrica de albardas, sempre soñara cunha casa magnífica, xardín pomposo, mobiliario raro. Non deixou o negocio das albardas, pero descansaba del contemplando a casa nova, a primeira de Itaguaí, máis grandiosa do que o era a Casa Verde, máis nobre ca do Concello. Entre a xente ilustre da cidade había choros e indignación, cando se pensaba, ou se falaba, ou se eloxiaba a casa do albardeiro; un simple albardeiro, Meu Deus!

-Aí o tes, abraiado -comentaban os transeúntes pola mañá.

Mateo tiña, efectivamente, o costume de tirarse no medio do xardín, cos ollos mirando para a casa, namorado, durante unha longa hora, até que o viñan chamar para xantar. Os veciños, inda que o saudaban con certo respecto, rían ás súas costas que daba gusto. Un deles chegou a dicir que Mateo aforraría moito máis, e sería riquísimo se fabricase as albardas para si mesmo; epigrama inintelixíbel, pero que facía rir a todos a gargalladas.

— Agora aí o tes mirando para Mateo, dicían pola tarde.

A razón desta outra expresión era que, pola tarde, cando as familias saían a pasear (xantaban cedo), Mateo adoitaba colocarse na fiestra, ben no centro, visíbel, sobre un fondo escuro, cuberto de branco, en actitude señorial, e así ficaba dúas ou tres horas até que anoitecía completamente. Pódese crer que a intención de Mateo era a de ser admirado e envexado, aínda que el non llo confesase a ninguén, nin ao farmacéutico, nin ao padre Lopes, polos seus grandes amigos. E mentres non foi outra a argumentación do farmacéutico, cando o alienista lle dixo que se cadra o albardeiro padecese do amor das pedras, teima que o Bacamarte descubrira e que estudaba desde algún tempo. Iso de contemplar a casa...

— Non, señor, respondeu vivamente Crispín.

— Non?

— Perdóeme vostede, pero se cadra non sabe que el de mañá examina a obra, non a admira; de tarde, son os outros os que o admiran a el e á obra- E contou os costumes do albardeiro, todas as tardes, desde cedo até a tardiña.

Unha voluptuosidade científica iluminou os ollos de Simón Bacamarte. Ou non coñecía todos os costumes do albardeiro, ou o único que quería, interrogando a Crispín, era confirmar algunha información incerta ou unha vaga sospeita. A explicación chegoulle; pero como tiña as alegrías propias dun sabio, concentradas, nada viu o farmacéutico que fixese sospeitar unha intención sinistra. Ao contrario, era de tarde, e o alienista pediulle o brazo para ir de paseo. Deus! Era a primeira vez que Simón Bacamarte lle daba ao seu confidente unha honra tal; Crispín ficou tremendo, apampado, dixo que si, que estaba listo. Chegaron dúas ou tres persoas de fóra, Crispín mandounas mentalmente ao demo; non só demoraban o paseo, senón que podía chegar a ocorrer que Bacamarte escollese a algunha delas para o acompañar, e prescindise del. Que impaciencia! Que angustia! Por fin, marcharon. O alienista dirixiuse cara a casa do albardeiro, viuno na fiestra, pasou cinco, seis veces por diante del, devagar, parando, examinando os comportamentos, a expresión da cara. O pobre Mateo, en canto reparou que era obxecto da curiosidade ou admiración da primeira figura de Itaguaí, aumentou a súa énfase, deu outro relevo ás actitudes... Triste! Triste! Non fixo máis que condenarse; ao día seguinte foi recluído na Casa Verde.

— A Casa Verde é un cárcere privado, dixo un médico sen clínica.

Nunca unha opinión bateu e se espallou tan rapidamente. Cárcere privado; iso era o que se repetía de norte a sur e de leste a oeste de Itaguaí; con medo, é verdade, porque durante a semana que seguiu á captura do pobre Mateo, vinte tantas persoas —dúas ou tres de consideración—, foron recluídas na Casa Verde. O alienista dicía que só se admitirían os casos patolóxicos, pero pouca xente cría nel. Xurdían versións populares. Vinganza, cobiza cos cartos, castigo de Deus, monomanía do propio médico, plano secreto de Río de Xaneiro co fin de destruír en Itaguaí calquera gromo de prosperidade que puidese agromar, arborecer, florecer, co descrédito e fraqueza daquela cidade, mil outras explicacións, que non explicaban nada, así era o produto diario da imaxinación pública.

Niso chegou de Río de Xaneiro a muller do alienista, a tía, a muller de Crispín Soares, e a demais comitiva —ou case toda— que algunhas semanas antes partira de Itaguaí. O alienista foina recibir, co farmacéutico, o padre Lopes, os concelleiros e outros maxistrados. O intre no que dona Evarista puxo os ollos na persoa do seu home é considerado polos cronistas da época como un das máis sublimes da historia moral dos homes, e iso polo contraste das dúas naturezas, ambas as dúas extremas e magníficas. Dona Evarista soltou un berro, balbuciu unha palabra, e botouse ao consorte, cun aceno que non se pode definir mellor que comparándoo cunha mestura de pantera e rula. O ilustre Bacamarte non tiña a mesma sensación de felicidade, frío coma un diagnóstico, sen desencaixar un intre a rixidez científica, estendeu os brazos á súa muller, que caeu neles e desmaiouse. Curto incidente; ao cabo de dous minutos, dona Evarista recibía os saúdos dos amigos, e o desfile púxose en marcha.

Dona Evarista era a esperanza de Itaguaí; contaban con ela para minguar o flaxelo da Casa Verde. De aí as exclamacións públicas, a trulla que ateigaba as rúas, as bandeirola, as flores e damascos nas fiestras. Co brazo apoiado no do padre Lopes —porque o eminente Bacamarte confiara a súa muller ao párroco, e acompañábaos con paso meditativo—, dona Evarista viraba a cabeza dun lado para o outro, curiosa, inquieta, atrevida. O párroco preguntaba cousas sobre Río de Xaneiro, que el non visitara desde o vicerreinado anterior, e dona Evarista respondía, entusiasmada, que era a cousa máis fermosa que podía haber no mundo. A glorieta estaba acabada, un paraíso, onde ela fora moitas veces, e a Rúa das Belas Noites, a fonte das Ocas... Ah!, a fonte das Ocas! Eran ocas auténticas; feitas de metal e botando auga polo bico. Unha cousa elegantísima. O párroco dicía que si, que Río de Xaneiro debía estar agora moito máis bonito. Que de feito xa era noutros tempos! Non hai comparación, máis grande que Itaguaí, e inda por riba sede do goberno... Pero non se pode dicir que Itaguaí fose feo; tiña casas fermosas, a casa de Mateo, a Casa Verde...

— A propósito da Casa Verde, dixo o padre Lopes esvarando habilmente cara o tema en cuestión, a señora vaina atopar moi chea de xente.

— Si?

— Pois si. Por alí anda Mateo...

— O albardeiro?

— O albardeiro, está Costa, a curmá de Costa, e Fulano, e Mengano, e...

— Todos eses están tolos!

— Ou case tolos, dixo o párroco

— Entón que pasou?

O párroco torceu a cara, coma quen non sabe nada, ou non o quere dicir todo; resposta baleira, que non se pode repetir a outra persoa, por falta de información. A dona Evarista pareceulle moi curioso que toda aquela xente tolease; un ou outro, vale, pero todos? Mentres, lle custaba dubidar; o seu home era un sabio, non ía pechar a ninguén na Casa Verde sen proba evidente da súa tolemia.

— Sen dúbida... sen dúbida... , puntualizaba o párroco.

Tres horas despois, preto de cincuenta comensais sentaban en torno á mesa de Simón Bacamarte; era a comida de benvida. Dona Evarista foi o motivo obrigado dos brindes, discursos, versos de todo tipo, metáforas, detalles, apoloxías. Ela era a muller do novo Hipócrates, a musa da ciencia, anxo, divina, aurora, caridade, vida, consolo; tiña nos ollos dúas estrelas, segundo a versión modesta de Crispín Soares, e dous soles, no punto de vista dun concelleiro. O alienista escoitaba esas cousas un tanto amolado, pero sen transmitir impaciencia. Como moito dicíalle ao oído da súa muller, que a retórica permitía tales atrevementos sen significado ningún. Dona Evarista facía esforzos para adherirse a esa opinión do home; pero aínda descontando tres cuartas partes dos aloumiños, quedaba moito para encherlle a alma. Un dos oradores, por exemplo, Martín Brito, rapaz de vinte e cinco anos, vaidoso acabado, curtido de conquistas e aventuras, pronunciou un discurso no que o nacemento de dona Evarista explicábase dun xeito moi peculiar. "Deus, dixo el, despois de darlle ao universo o home e a muller, ese diamante e esa perla da coroa divina (e o orador arrastraba triunfalmente esta frase dunha punta a outra da mesa), Deus quixo vencer a Deus, e creou a dona Evarista."

Dona Evarista baixou os ollos con exemplar modestia. Dúas señoras, parecéndolles a cortesía excesiva e audaz, interrogaron os ollos do dono da casa; e, en verdade, o aceno do alienista pareceulles sospeitoso, ameazante e, probablemente, sanguento. O atrevemento foi grande, pensaron as dúas damas. E ambas as dúas pedían a Deus que evitase calquera episodio tráxico, ou polo menos que o adiase até o día seguinte. Si, que o adiase. Unha delas, a máis piadosa, chegou a admitir, para si mesma, que dona Evarista non merecía ningunha desconfianza, tan lonxe estaba de ser atraente ou bonita. Unha simple auga morna. A verdade é que, se a todos lles gustase o mesmo, que pasaría co amarelo? Esta idea fíxoa tremer outra vez, aínda que menos porque o alienista sorría agora a Martín Brito e, todos xa erguidos, foi onda el e faloulle do discurso. Non lle negou que era unha improvisación brillante, chea de aspectos magníficos. A idea relativa ao nacemento de dona Evarista era del, ou sacouna dalgún autor...? Non, señor; era cousa súa; atopouna naquela ocasión e parecéralle apropiada para un arrebato oratorio. Polo demais, as súas ideas eran máis atrevidas que tenras ou divertidas. Dábaselle ben o épico. Unha vez, por exemplo, compuxo unha oda á caída do marqués de Pombal, na que dicía que ese ministro era "o dragón máis áspero do Nada", esmagado polas "poutas vingadoras do Todo"; e así outras, máis ou menos fóra do común; gustábanlle as ideas sublimes e raras, as imaxes grandes e nobres...

— Pobre rapaz!, pensou o alienista. E continuou dicindo: —Trátase dun caso de lesión cerebral; fenómeno sen gravidade, mais digno de estudo...

Dona Evarista quedou estupefacta cando soubo, tres días despois, que Martín Brito fora internado na Casa Verde. Un rapaz que tiña ideas tan bonitas! As dúas señoras atribuíran o comportamento a celos do alienista. Non podía ser outra cousa; realmente a comunicación do rapaz fora demasiado audaz.

Celos? Pero como se explica que, acto seguido, fosen encerrados Xosé Borges do Couto Leme, persoa estimada, o Rapaz dos Tecidos, folgazán profesional; o notario Fabrício, e algúns outros? O terror creceu. Non se sabia xa quen estaba san, nin quen estaba tolo. As mulleres, cando os seus homes saían, mandaban acender unha candea á Nosa Señora; e non todos os homes eran valentes; algúns non saían fóra sen un ou dous gardacostas. Iso era o terror. Quen podía, emigraba. A un deses fuxitivos apresárono a douscentos pasos da cidade. Era un rapaz de trinta anos, amábel, falador, educado, tan educado que non saudaba a ninguén que non quitase o sombreiro; na rúa ocorríaselle percorrer unha distancia de entre trinta ou corenta metros para ir darlle a man dun home importante, dunha señora, ás veces dun neno, como acontecera co fillo do xuíz de fóra. Tiña vocación para o cortés. Polo demais, debía as boas relacións da sociedade, non só aos seus dotes persoais, que eran raros, como á nobre tenacidade coa que nunca se desanimaba diante dun, dous, catro, seis rexeitamentos, caras largas, etc. O que acontecía era que cada vez que entraba nunha casa, non a deixaba máis, nin os da casa o deixaban a el, Xil Bernardes era tan gracioso. Pois Xil Bernardes, a pesares de saber que era tan estimado, tivo medo cando lle dixeron un día, que o alienista non lle quitaba ollo; na madrugada seguinte fuxiu da cidade, pero logo o colleron e o levaron á Casa Verde.

— Temos que acabar con isto!

— Non podemos seguir así!

— Abaixo a tiranía!

— Déspota! Violento! Cruel!

Non eran berros na rúa, eran suspiros na casa, mais non tardaría a hora dos berros. O terror medraba; achegábase a rebelión. A idea dunha petición ao goberno para que Simón Bacamarte fose capturado e deportado, andou por algunhas cabezas, antes de que o barbeiro Porfirio o contase no negocio, con grandes xestos de indignación. Reparen —e esta é unha das páxinas máis auténticas desta escura historia—,que Porfirio, desde que a Casa Verde comezara a poboarse tan extraordinariamente, viu medrar os beneficios pola aplicación constante de sambesugas que de alá lle pedían; mais o interese particular, dicía el, debe ceder ao interese público. E engadía: — Hai que derrocar ao tirano! Reparen ademais, que el soltou ese berro xustamente o día que Simón Bacamarte fixera recluír na Casa Verde a un home que levaba con el unha denuncia, o Coello.

— Non me van dicir que é o que ten Coello de tolo? esixiu Porfirio.

E ninguén lle respondía; todos repetían que era un home que estaba axuizado. A mesma denuncia que el tiña co barbeiro, sobre uns terreos da cidade, era filla da escuridade dunha credencial, e non da cobiza ou do odio. Coello tiña un excelente carácter. Os únicos inimigos que tiña eran algún suxeitos que, dicindo ser despistados, ou alegando estar con présa, en canto o vían de lonxe viraban a esquina, entraban nas tendas, etc. En realidade, a el encantáballe a boa conversa, a conversa extensa, gustábanlle os grolos grandes, por iso nunca estaba só, preferindo aos que sabían dicir dúas palabras, mais sen desprezar aos outros. O padre Lopes, que estudaba a Dante, e era inimigo de Coello, nunca o vira separarse de alguén que non recitase e emendase este fragmento: