Voltar

Ambrose Bierce

Contos

Tradución de Moisés Rodríguez Barcia

 

 

UNHA CONFLAGRACIÓN IMPERFECTA

Unha mañá de xuño de 1872, ben cedo, asasinei a meu pai, acto que me causou no momento unha fonda impresión. Isto foi antes de eu ter casado, cando aínda vivía cos meus pais en Wisconsin. Meu pai e mais eu estabamos na biblioteca da nosa casa, dividindo o producto dun roubo que cometeramos aquela noite, e que consistía maiormente en tarecos domésticos. A tarefa dunha división equitativa
presentábase difícil. Apañámonos moi ben cos panos de mesa, toallas e cousas semellantes, e mesmo repartímo-la prata de forma bastante xusta; pero calquera pode comprobar que non é doado dividir unha soa caixa de música entre dous sen que dea resto. Foi esa caixa de música a que trouxo o desastre e a desgracia á nosa familia. Se a deixasemos quedar, o meu pobre pai aínda estaría vivo.

Era unha peza da máis exquisita e fermosa artesanía, con incrustacións de valiosas madeiras e unha talla moi laboriosa. Non só executaba unha gran variedade de melodías, senón que, sen necesidade de darlle corda, tamén asubiaba coma un paspallás, ladraba coma un can, cacarexaba tódalas mañás ó abrente e recitaba os Dez Mandamentos. Foi esta última peculiaridade a que conquistou o corazón de meu pai e o empuxou a comete-lo único acto deshonroso da súa vida, anque posiblemente tería cometido máis de seguir vivindo: tentou ocultarme aquela caixa de música, e declarou polo seu honor que non a collera, aínda que eu sabía moi ben que polo que a el respectaba o roubo levárase a cabo principalmente co propósito de conseguila.

Meu pai tiña a caixa de música agochada debaixo da capa (vestiramos unhas capas para non sermos recoñecidos). Asegurárame solemnemente que non a collera. Pero eu sabía que o fixera, e ademais sabía algo que evidentemente el ignoraba: se conseguía prolonga-la división de beneficios ata o abrente, a caixa cacarexaría e traizoaríao. Todo ocorreu como eu desexaba. Cando na biblioteca comezou a palidece-la luz de gas e a recoñecerse vagamente a forma das xanelas detrás das cortinas, chegou un longo qui-quiri-quí de debaixo da capa do vello, seguido por algúns compases dunha aria do Tannhauser e rematando cun sonoro clic. Encol da mesa, entre nó-los dous, xacía unha machadiña que usaramos para entrar naquela desafortunada casa, e collina. Ó ver que era inútil seguir disimulando, o vello sacou a caixa de debaixo da capa e pousouna na mesa.

—Pártea en dúas, se é iso o que queres –dixo–. Eu só intentaba salvala da destrucción.

Era un apaixonado amante da música, e sabía toca-la concertina con expresividade e sentimento.

Eu dixen:

—Non cuestiono a pureza dos teus motivos; sería presuntuoso que me puxese a xulgar a meu pai. Pero o negocio é o negocio, e con esta machada vou levar a cabo a disolución da nosa sociedade, a non ser que consintas levar un axóuxere en tódolos roubos futuros.

—Non –dixo tras unha breve reflexión–, non, non podería facelo. Semellaría unha confesión de deshonestidade. A xente diría que desconfiabas de min.

Non puiden evitar admira-lo seu ánimo e a súa sensibilidade. Durante un intre sentinme orgulloso del e estiven disposto a pasar por alto a súa falta, pero unha ollada á caixa de música ricamente ornamentada decidiume, e como dixen, despachei ó vello deste val de bágoas. Tras facelo sentín certo desacougo. Non só era o meu pai, a quen debía a miña existencia, senón que sen dúbida ían descubri-lo corpo: xa era día claro, e miña nai podía entrar na biblioteca en calquera momento. Naquelas circunstancias considerei oportuno despachala tamén a ela, cousa que fixen. Despois paguei ós criados e despedinos.
Aquela tarde fun onda o xefe da policía; conteille o que fixera e pedinlle consello. Resultaríame moi doloroso que se descubrisen os feitos. Todo o mundo reprobaría a miña conducta, e se algunha vez me presentaba ás eleccións íano usa-los xornais na miña contra. O xefe entendeu a forza destas consideracións; el mesmo era unha asasino de ampla experiencia. Tras consultar co xuíz que presidía a Corte de Xurisdicción Variable, aconselloume oculta-los corpos nunha das librerías, facerlle un bo seguro á casa e prenderlle lume. E iso foi o que fixen.

Na biblioteca había unha librería que meu pai lle comprara recentemente a algún inventor tolo, e que aínda non enchera. Tiña a forma e o tamaño deses vellos armarios que se ven nos dormitorios sen roupeiro, pero abríase para abaixo, coma os camisóns de señora, e tiña portas de cristal. Pouco antes amortallara ós meus pais, e xa estaban ríxidos de abondo para que puidesen sosterse erectos. Metinos, pois, na librería da que sacara os andeis, pecheinos dentro e corrín as cortinas sobre as portas de cristal. O inspector da compañía de seguros pasou media ducia de veces por diante dela sen sospeitar nada.

Aquela noite, despois de obte-la póliza, prendinlle lume á casa e crucei o bosque correndo cara á cidade, a dúas millas de distancia, onde me apañei para que me visen á hora en que había maior animación. Uninme á multitude dando berros de mágoa pola sorte dos meus pais, e cheguei ó incendio unhas dúas horas despois de telo provocado. Cando cheguei, correndo, xuntárase alí toda a cidade. A casa consumírase por completo, ¡pero a librería aínda estaba de pé no medio das brasas candentes, ilesa! As cortinas arderan e amosaban as portas de cristal. A través delas a intensa luz vermella iluminaba o interior: alí estaba meu pai morto, “cuspidiño a como fora de vivo”, e ó seu carón a compañeira das súas penas e alegrías. Non tiñan un pelo chamuscado, e a súa roupa estaba intacta. Nas cabezas e gorxas apreciábanselles os danos que me vira compelido a inflixirlles para levar a cabo os meus designios. A xente permanecía en silencio, como se estivese a presenciar un milagre; o respecto e o terror paralizáranlle-las linguas, e ata eu estaba moi afectado.

Uns tres anos despois, cando os feitos arriba relatados xa case se me borraran da memoria, fun a Nova York para axudar a pasar uns bonos do estado falsificados. Un día, mirando despreocupadamente a vitrina dunha tenda de mobles, vin a reproducción exacta daquela librería.

—Compreilla por unha miseria a un inventor arrepentido –explicoume o tendeiro–. Dixo que era ignífuga: os poros da madeira están recheos de alume a presión hidráulica e o cristal é de asbesto. Supoño que non será realmente ignífuga. Pode levala polo prezo dunha librería corrente.

—Non –dixen–, se non me pode garantir que é ignífuga non a quero –e despedinme dándolle os bos días.

Non a quería nin regalada: traíame lembranzas demasiado desagradables.


ACEITE DE CAN

Chámome Boffer Bings. Nacín nunha familia honesta, anque moi humilde. Meu pai era fabricante de aceite de can, e miña nai tiña ó pé da igrexa da vila un pequeno gabinete onde se desfacía de criaturas non desexadas. Na miña infancia inculcáronme os hábitos da industria; non só axudaba a meu pai procurando cans para os seus caldeiros, senón que miña nai encargábame con frecuencia que me desfixese dos despoxos do seu traballo no gabinete. Para desempeñar esta obriga, ás veces precisei de toda a miña intelixencia natural, pois tódolos axentes da lei da veciñanza opoñíanse ós negocios da miña nai. O asunto non tiña un carácter político, xa que os axentes non saían elixidos da oposición; simplemente facíano porque si.

Naturalmente a ocupación de meu pai era menos impopular, anque os propietarios dos cans desaparecidos ollábano ás veces con desconfianza, que se reflectía, por extensión, en min. Meu pai tiña como socios na sombra a tódolos boticarios da cidade, que rara vez estendían unha receita que non contivese o que eles se compracían en designar Ol. can, a medicina máis valiosa xamais descuberta. Pero a maioría da xente non está disposta a facer sacrificios persoais polos aflixidos, e era evidente que a moitos dos cans máis gordos da cidade prohibíranlles xogar comigo. Isto danou a miña xuvenil sensibilidade, e a piques estiven de facerme pirata.

Ó lembrar aqueles días, ás veces non podo evitar arrepentirme, pois levando involuntariamente ós meus amados pais á morte fun o autor de infortunios que afectaron profundamente ó meu futuro.

Unha noite, cando viña do gabinete de miña nai co corpo dun expósito, vin ó pasar por diante da fábrica de aceite de meu pai un garda que parecía observar atentamente os meus movementos. Novo como era, xa aprendera que os actos dun garda, sexan da clase que sexan, só responden ós motivos máis reprensibles, de xeito que o esquivei meténdome na aceitaría por unha porta lateral, que cadrou que estaba entornada. Pecheina de contado e quedei só co meu morto. Meu pai fórase deitar. A única luz daquel lugar proviña do forno, que ardía vivamente baixo un dos caldeiros, despedindo un profundo carmesí que causaba reflexos avermellados nas paredes. No caldeiro, o aceite movíase en indolente ebulición, botando de cando en vez un anaco de can á superficie. Sentei a agardar que marchase o garda. Sostiven no meu colo o corpo nu do expósito e acariñeille tenramente o curto e sedoso cabelo. ¡Ah, que fermoso era! Xa a aquela curta idade me gustaban apaixonadamente os nenos, e ó mirar aquel querubín case desexei que a vermella e pequena ferida do seu peito –obra da miña querida nai– non fose mortal.

A miña intención era guinda-la crianza ó río, que a natureza tan sabiamente nos proporcionara para o tal fin, pero aquela noite non me atrevín a marchar da aceitaría por temor ó garda. “Aínda que a fin de contas”, dixen para min, “non creo que importe moito se o boto no caldeiro. Meu pai nunca ha distingui-los seus ósos dos dun cachorro, e as poucas mortes que poidan resultar de administrar outra clase de aceite en lugar do incomparable Ol. can non han ser de importancia nunha poboación que medra tan rapidamente”. En resumo, dei o meu primeiro paso no crime e guindei a crianza ó caldeiro cunha tristeza indescritible.

Ó día seguinte, para a miña sorpresa, meu pai, fregando as mans de satisfacción, informounos a min e a miña nai de que obtivera a mellor calidade de aceite que nunca vira, e que así o declararan os médicos ós que lles levara mostras. Engadiu que non tiña idea de cómo obtivera o tal resultado, pois tratara os cans coma sempre en tódolos aspectos, e eran da raza habitual. Considerei o meu deber darlles unha explicación, e iso fixen, anque contería a miña lingua se puidese preve-las consecuencias. Lamentando teren ignorado as vantaxes de combina-las súas industrias, meus pais adoptaron de contado medidas para repara-lo erro. Miña nai trasladou o gabinete a unha ala do edificio da fábrica, e as miñas obrigas en relación co oficio cesaron; xa non me requirían para que me desfixese dos corpos dos pequenos superfluos, e non había necesidade de atraer cans á súa condenación, pois meu pai renunciou a eles por completo, por máis que aínda ocupaban un honroso lugar no nome do aceite. Abocado, pois, subitamente ó ocio podíase agardar que me convertese nunha persoa viciosa e disoluta, pero non foi así. A bendita influencia da miña querida nai seguiu protexéndome das tentacións que asexan á mocidade, e ademais meu pai era diácono nunha igrexa. ¡Ah, e pola miña culpa esas estimables persoas ían ter un final tan funesto!

Ó atopar un dobre proveito no seu negocio, miña nai entregouse a el con inusitada asiduidade. Non só se desfacía dos cativos superfluos e non desexados que lle encargaban, senón que saía ás estradas e corredoiras na procura de nenos de maior tamaño, e mesmo dos adultos que conseguía atraer á aceitaría. Tamén meu pai, namorado da superior calidade do aceite producido, fornecía os seus caldeiros con celo e dilixencia. En resumo, a conversión dos seus veciños en aceite de can converteuse na única paixón das súas vidas. Unha absorbente e poderosa avidez invadiu as súas almas e ocupou o lugar da esperanza que tiñan de chegar ó Ceo, que por outra parte tamén os inspiraba.

Tan emprendedores se fixeran que se celebrou unha asemblea pública na que se adoptaron resolucións que os censuraban severamente. O presidente deu a entender que os sucesivos ataques contra a poboación se recibirían con hostilidade. Os meus pobres pais abandonaron a asemblea co corazón partido, desesperados e creo que co xuízo algo perturbado. De tódolos xeitos considerei prudente non entrar con eles na aceitaría aquela noite, e quedei a durmir fóra, nunha corte.

Contra a media noite algún misterioso impulso fixo que me erguese e que espreitase por unha fiestra do cuarto do forno, onde sabía que durmía meu pai. O lume ardía vivamente, coma se se agardase que a colleita do día seguinte fose abundante. Un dos enormes caldeiros fervía lentamente cun misterioso aspecto de contención, como agardando o momento de despregar tódalas súas enerxías. Meu pai non estaba na cama; levantárase e estaba en camisón facendo un nó corredizo nunha forte corda. Polas olladas que dirixía á porta do dormitorio de miña nai coñecín moi ben o propósito que lle pasaba pola mente. Mudo e inmobilizado polo terror, non puiden facer nada por evitalo. De súpeto, a porta da alcoba de miña nai abriuse sen facer ruído e víronse enfrontados un ó outro, ámbolos dous en aparencia sorprendidos. Tamén ela ía en camisón, e sostiña na man dereita a súa ferramenta de traballo: unha longa daga de folla estreita.

De igual xeito, miña nai fora incapaz de renunciar á única elección que lle deixaran a hostil actitude dos cidadáns e a miña ausencia. Durante un intre contempláronse mutuamente os ollos acesos, e entón botáronse un enriba do outro con indescritible furia. Loitaron por todo o cuarto pelexando coma demos; meu pai maldicía, miña nai berraba, ela tentaba cravarlla a daga e el estrangulala coas súas grandes mans núas. Non sei canto tempo tiven a desgracia de observar este desagradable instante de infelicidade doméstica, pero por fin, despois dun forcexo máis vigoroso do normal, os contendentes separáronse de súpeto.

O peito de meu pai e a arma de miña nai amosaban signos de contacto. Durante outro instante olláronse un ó outro do xeito máis hostil; entón o meu pobre e ferido pai, sentindo a man da morte, deu un salto para adiante e sen atender á resistencia que ofrecía miña nai, colleuna nos brazos, levouna onda o caldeiro fervente, e xuntando as súas últimas enerxías saltou con ela. Nun momento ambos desapareceran e estaban engadindo o seu aceite ó do comité de cidadáns que o día anterior lles levaran unha invitación para a asemblea pública.

Convencido de que estes infelices sucesos me pechaban tódolos camiños para unha carreira honorable naquela cidade, deixei a famosa vila de Otumwee, onde escribín estas memorias co corazón cheo de remorsos por un acto tan imprudente e que supuxo un desastre comercial tan catastrófico.

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2003
© da tradución Moisés Rodríguez Barcia