SOBRE O AMOR
O día seguinte serviron para o almorzo unhas pastas riquísimas,
caranguexos e croquetas de año; e namentres os dous cazadores
e o seu anfitrión almorzaban subiu o cociñeiro chamado
Nikanor, para saber qué podería ofrecer ós señores
invitados para xantar. Era o cociñeiro un home de mediana estatura,
coa faciana inflada e os olliños pequenos; estaba afeitado e
parecía que no canto de emprega-la coitela depilase o bigote.
Contou Aliokhin que a bela Pelagueia andaba namorada do cociñeiro.
Como era bebedor e alborotador, non quería casar con el, mais
estaba de acordo con viviren así como vivían. El, en cambio,
era moi devoto e as súas conviccións relixiosas non lle
permitían que vivisen así como vivían; esixía
que casasen pola igrexa e doutro xeito non quería continuar,
aldraxándoa, cando estaba bébedo, e incluso mallando nela.
Cando se embebedaba, a muller buscaba refuxio nas estancias de enriba
e salaiaba, e entón Aliokhin e toda a servidume non saían
de casa para socorrela en caso de necesidade.
Deron en falar sobre o amor.
—¿Como nace o amor? –dixo Aliokhin–. ¿Por
que Pelagueia se namorou de Nikanor, deste fociño, aquí
todos lle chamamos fociño; por qué del, precisamente e
non dalgunha persoa mais conforme ás calidades interiores e exteriores
desta muller, xa que no amor o que importa é o que contribúe
á felicidade persoal? Todo iso son incógnitas e pódese
tratar de despexa-las de moitos xeitos. Ata agora sobre o amor díxose
só unha verdade indiscutible: que “é un misterio
grande”; e o resto, o que se dixo e se escribiu sobre o amor,
non foron solucións dos seus problemas senón a presentación
destes que quedaron sen resolver. A explicación que semella servir
para un caso xa non serve para outros dez e, na miña opinión,
o mellor é tratar de explicar cada caso por separado, sen pretende-la
xeneralización. Como din os médicos, hai que tratar cada
caso por separado, como algo individual.
—É certo, é –comentou Burkin.
—Nos, os rusos cultos, xente de ben, temos unha auténtica
paixón por todos eses problemas que sempre quedan sen resolver.
Polo común sobre o amor escríbense poesías, aderézano
con rosas e reiseñores; e nós, os rusos, aderezámo-lo
noso amor con estes fatídicos problemas e, amais, escollemos
entre eles os máis tediosos. Cando eu era aínda estudiante,
alí, en Moscova, tiña unha amiga, unha señora deliciosa
que, ó recollerse nos meus brazos, adoitaba pensar na cantidade
que lle ía pasar eu aquel mes ou canto valía unha libra
de vitela. Do mesmo modo nós, cando amamos, non paramos de facer
preguntas a nós mesmos: se é honesto, se non o é,
se é algo razoable ou algo louco, ónde nos ha levar este
amor e un longo etcétera. Non sei se é unha cousa boa
ou mala, mais o que sei é que esa actitude enfastía, que
non trae satisfaccións, que amola.
Notábase que Aliokhin devecía por contar algo. Os homes
que viven sos sempre gardan no fondo da alma algo que lles gustaría
contar. Os solteiróns das cidades van ós baños
públicos ou ós restaurantes cunha única intención,
a de parolar e, por veces, cóntanlles ós bañistas
ou ós camareiros unhas historias interesantísimas; e os
que viven no campo adoitan desafogar cos seus invitados.
O que se vía polas ventás era un ceo gris e as árbores
molladas pola chuvia; cun tempo así non se podía ir a
ningún sitio e non había máis remedio que contar
ou escoitar algunha historia.
Vivo aquí en Sófino e dedícome a goberna-la miña
facenda dende hai moito tempo –empezou a contar Aliokhin–,
dende que rematei os estudios universitarios. Pola miña educación
son un señorito, polos meus gustos, un home dado ós libros
e ós estudios; pero cando cheguei aquí, pesaban sobre
a herdade moitas débedas. Como o meu pai se enchera de empeños
en parte para paga-la miña educación, tomei unha decisión:
non me iría de aquí e seguiría a traballar ata
que quedasen canceladas tódalas débedas.
Tomei, pois, esta decisión e empecei a traballar; foi, todo hai
que confesalo, non sen certo anoxo. Aquí, a terra non dá
moito de si e para que sexa rendible hai que empregar servos ou braceiros
o que é case que o mesmo; outra solución é segui-lo
exemplo de campesiños ou sexa traballaren no campo o seu propietario
e maila súa familia. Non hai termo medio.
Mais daquela eu non entraba nestas consideracións. Non deixaba
ningún anaquiño de terra sen cultivar, reunía case
que por forza, a tódolos labregos dos arredores, o traballo fervía,
tamén eu araba, sementaba, seituraba; mais aburríame,
contraíaseme a face nun xesto de repugnancia semellante ó
que ten un gato aldeán cando a fame o fai comer cogombros do
horto; doíame o corpo todo e durmía sobre a marcha. Ó
principio pensei que non sería moi difícil avinzar esta
vida de traballo cos meus costumes cultos. Bastaría para iso,
pensaba eu, con cinguirme a un plano de vida ordenada. Establecinme
aquí enriba, nas estancias dos señores, e dispuxen que
despois de almorzos e xantares me servisen café e licores. Polas
noites, antes de ir para a cama, lía Noticias de Europa.
Mais un día veume ve-lo noso pope, padre Iván, e liquidou,
dunha sentada, tódolos meus licores; e Noticias de Europa
veu dar nas mans das súas fillas, as popóvnas.
En verán, sobre todo, durante a ceifa, nin tiña tempo
para chegar onda a miña cama, quedaba durmido na barraca para
carruaxes, nalgunha zorra, ou nalgunha caseta para gardas forestais
(non son sitios para ler, precisamente). Pouquiño a pouco funme
trasladando para abaixo, dei en comer na cociña, e dos luxos
de outrora só me quedou esta servidume, que xa estivera aquí
con meu pai; por iso me doe botala fóra.
Nos primeiros anos, elixíronme xuíz de paz honorífico.
De cando en vez tiña que ir á cidade e asistir ás
reunións do consello ou do tribunal local, e todo iso distraíame.
Despois de levares dous ou tres meses sen te mover de aquí, sobre
todo en inverno, acabas por botar en falta a levita negra. E no tribunal
local víanse levitas, uniformes militares, fracs; case tódolos
membros do tribunal eran xente culta, había con quen falar. Despois
de durmir nunha zorra, despois de comer na cociña para a servidume,
sentar nunha butaca, coa roupa limpa, zapatos que non pesan e leontina
no peito ¡é todo un luxo!.
Na cidade tratábanme con hospitalidade e fixen, de bo grado,
novas amizades. De todas elas, a máis sólida e, ó
dicir verdade, a máis amena, foi a de Luganóvich, vicepresidente
do tribunal. Vostedes coñéceno, é unha persoa excelente.
Foi, precisamente, despois do proceso dos incendiarios, tan soado; durou
a vista dous días, estabamos esgotados. Luganóvich olloume
e dixo:
- “¿Sabe? Imos comer á miña casa”.
Foi unha invitación que non esperaba porque a Luganóvich
coñecíao moi pouco, só de forma oficial; e nunca
estivera na casa del. Pasei polo meu hotel, para muda-la roupa, e fun
comer cos Luganóvich. Foi alí onde tiven a oportunidade
de coñecer a Anna Alexéievna, a esposa do meu anfitrión.
Daquela era moi nova, non tería máis de vintedous anos
e había medio ano que tivera o seu primeiro neno.
Xa pasou moito tempo de todo iso. Agora para min sería difícil
dicir exactamente o que tiña ela de extraordinario, o que me
atraía tanto; mais daquela, durante a comida, para min estaba
todo claro e irresistible: vía unha muller nova, bela, boa, intelixente
e culta, cativadora; unha muller como endexamais vira antes; e de contado
sentín que era un ser co que eu xa tiña afinidades, e
que eu a coñecía como se xa tivese visto algunha vez ese
rostro, eses ollos compracentes e comprensivos, e os vira cando neno
nun álbum que a miña nai gardaba na repisa da cómoda.
No proceso dos incendiarios acusaron a catro xudeus, declaráronos
unha banda de malfeitores, e condenáronos, na miña opinión
de forma absolutamente infundada. Durante a comida, estiven moi desacougado
e apesarado; xa non me acorda o que dixen, mais acórdome de que
Anna Alexéievna meneou a cabeza varias veces e lle dixo ó
seu marido:
- “Dmitri, mais ¿como pode ser?”
Luganóvich é bo coma un Pan de Cea, é unha destas
persoas inxenuas que sempre se manteñen na convicción
de que se un individuo cae nas mans da xustiza significa que é
culpable e se hai dúbidas sobre o veredicto, estas só
se poden dar a coñecer polo procedemento legal e por escrito;
e de ningún xeito poden formularse durante a comida e nunha conversa
entre amigos.
- “Nin vostede nin eu incendiamos ren” –dicía,
manso– “e xa ve vostede, a nós non nos procesan nin
nos meten no cárcere.”
E ámbolos dous, marido e muller, insistían en que comese
e bebese máis; e por algúns detalles de pouca importancia,
como, por exemplo, o de prepararen xuntos o café, o de se entenderen
a medias palabras, puiden deducir que vivían en concordia e harmonía
e tamén que gozaban da presencia do invitado. Acabada a comida,
tocaron o piano a catro mans; á escurecida marchei para Sófino.
Todo iso aconteceu a principios da primavera. Despois pasei o verán
aquí, sen saír para ningures e sen que tivese tempo para
pensar sequera na cidade; mais a imaxe daquela muller loura e garrida
gardábaa sempre; non pensaba nela, era máis ben unha leve
sombra dela que me quedara na alma.
Ó final do outono, na cidade, tivo lugar un espectáculo
benéfico. Entro eu no palco do gobernador (invitáronme
no entreacto), é a quen vexo é a Anna Alexéievna,
sentada a carón da esposa do gobernador: e volve asaltarme, irresistible,
aquela impresión de beleza ó ve-los seus ollos agarimosos
e entrañables, volve aquela sensación de afinidade.
Sentei a carón dela; no entreacto paseamos xuntos polo foyer.
- “Vostede avagou”, díxome. “¿Estivo
enfermo?”
- “Si, tiven reuma no ombreiro, e nos días de chuvia durmo
mal”.
“Ten vostede un aspecto decaído. Na primavera, cando veu
vostede comer, víase máis novo, máis arrufado.
Aquel día estivo vostede inspirado, falou moito, pareceume unha
persoa moi interesante e confeso que case me chego a sentir atraída
por vostede. E, non sei por qué, lembreime de vostede varias
veces no verán; e hoxe, ó arranxarme para vir ó
teatro, tiven a premonición de que o ía ver.”
E riu.
- “Pero hoxe ten vostede un aspecto decaído”, repetiu.
“Iso avelléntao”.
Ó día seguinte almorcei na casa dos Luganóvich.
Despois de almorzar, foron á súa casa de campo co fin
de dispor todo para o inverno, e eu acompañeinos. Tamén
o fixen de volta á cidade, e á media noite tomei o té
na súa casa, nun ambiente de serenidade, de vida familiar: había
lume na cheminea e a nai moza saía do comedor a cada intre para
ver se durmía a súa filliña.
Dende entón, cada vez que ía eu á cidade acudía
sen fallar á casa dos Luganóvich. Acostumáronse
eles a min e eu a eles. Adoitaba presentarme sen avisar coma se fose
un membro máis da familia.
“¿Quen é?”, oía eu a voz tranquila
dela, a voz que chegaba dalgunha estancia distante e que sempre me parecía
tan feiticeira.
- “É Pável Konstantínych”, respondía
a serventa ou a aia.
Anna Alexéievna saía a recibirme con cara preocupada e
sempre me preguntaba:
- “¿Por que deixou pasar tanto tempo sen vir por aquí?
¿Sucedeu algo?”
E cada vez a expresión dos seus ollos, a súa man delicada
e fina que sempre me tendía ó entrar, o seu vestido de
casa, o seu peiteado, a súa voz, o seu andar, todo me producía
a mesma impresión de novidade, extraordinaria e importante na
miña vida.
Falabamos por extenso e tamén había espacios de silencio
cando pensabamos cadaquén nas nosas cousas; ou ela tocaba o piano
para min.
Se ó chegar eu non había ninguén en casa, agardaba
que chegasen os donos parolando coa aia, brincando coa nena ou lendo
un xornal tendido no diván do despacho del; e cando Anna Alexéievna
retornaba á casa, ía eu recibila na entrada, collíalle
tódolos paquetes das compras e, non lles sei por que, sempre
ó levalos sentía tanto amor e tanto orgullo coma se fose
un neno.
Hai un refrán que di: “Mercou un bácoro a velliña,
é que poucas fatigas tiña”. Poucas fatigas tiñan
os Luganóvich e simpatizaron comigo. Se me demoraba en volver
á cidade, imaxinaban que estivese doente e preocupábanse
moitísimo. Preocupábanse porque eu, unha persoa culta,
que coñecía varios idiomas, no canto de dedicarme ás
ciencias ou ás letras, vivise nunha aldea, afanándome
nunha actividade frenética, coma un esquío na súa
gaiola1; traballando moito e andando sempre á miñoca.
Crían que eu sufría e se falaba, comía, ría,
era só para disimulalo; e incluso nos momentos de ledicia, cando
eu estaba a gusto, notaba as súas olladas interrogativas que
me escudriñaban. Esta súa actitude era particularmente
conmovedora nas ocasións cando realmente tiña problemas,
cando me atafegaba algún acredor ou me faltaban cartos para algún
pago urxente; os dous, o marido e maila muller, bisbaban xunto da xanela,
logo el achegábase a min con xesto grave e dicía:
“Pável Konstantínych, se polo momento ten vostede
algunha dificultade económica, a miña esposa e mais eu
rogámoslle que non teña reparos e conte connosco.”
E, de puro emocionado, as orellas púñanselle coloradas.
Tamén acontecía que despois de bisbaren do mesmo xeito
xunto da xanela, el achegábase a min coas orellas coloradas e
dicía:
- “A miña esposa e mais eu rogámoslle encarecidamente
que acepte este agasallo.”
E ofrecíame uns broches de camisa, unha petaca ou unha lámpada
de mesa; e eu, en troques, enviáballes da aldea algunha que outra
ave, manteiga, flores.
A propósito: eran ámbolos dous persoas acomodadas. No
primeiro período da miña vida aldeá pedín
empréstitos a miúdo, e non era melindroso demais, pedía
onde podía, pero non houbo forza capaz de facerme aceptar cartos
dos Luganóvich. ¡Diso nada!
Sentíame malpocado. Na casa, no campo, nun alpendre, en todas
partes pensaba eu nela, esforzándome por comprende-lo segredo
desta muller, nova, bela e intelixente, que casara cun home común
e corrente, case que un vello (xa era corentón) e tiña
fillos del; e por comprender tamén o segredo deste home común
e corrente, bo e babeco que razoaba cunha cordura tan tediosa, que nas
festas e bailes sempre se arrimaba á xente respectable, tan insípido
el, tan inútil, cunha cara que expresaba apatía e docilidade
coma se o trouxesen para vender; e sen embargo este home críase
con dereito a ser feliz, a ter fillos desta muller; e eu seguía
esforzándome para chegar a comprender por qué ela lle
tocara en sorte a el precisamente e non a min, por qué era necesario
que na nosa vida, na miña e na dela, se producise un erro tan
monstruoso.
Cada vez que eu chegaba á cidade, vía nos seus ollos que
ela me esperaba, e ela mesma confesábame que desde a mañá
tivera un presentimento raro, adiviñando que eu viría.
Falabamos moito, despois calabamos, mais non nos declarámo-lo
noso amor, agachámolo tímida e celosamente. Tiñámoslle
medo
a todo o que puidese revela-lo noso segredo a nós mesmos.
Eu amábaa con tenrura, cun amor fondo; mais eu razoaba, preguntábame
a min mesmo: ¿onde podería levarnos este amor se desfalecemos
loitando contra el? Arrepiábame pensar que este amor meu calado
e triste esnaquizase con violencia a vida feliz do seu home e dos seus
fillos, de toda a súa casa na que tanto me querían e tiñan
tanta fe en min. ¿Iso era honesto? Ela seguiríame; pero
¿a onde? ¿Onde podería levala? Todo sería
distinto se a miña propia vida fose atractiva, fascinante; se
eu militase, por exemplo, pola liberdade da miña patria ou se
fose unha celebridade: un científico, un artista, un pintor;
pero o que pasaría en realidade era que a arrincaría dunha
vida común e ordinaria para levala a outra igual ou aínda
máis ordinaria. ¿E canto tempo duraría a nosa felicidade?
¿Que sería dela, se me enfermase, se morrese, ou simplemente
se deixasemos de amarnos?
É posible que ela razoase do mesmo xeito. Pensaba no seu home,
nos seus fillos, na súa nai á que quería ó
xenro como se fose un fillo seu. De se deixar levar polos seus sentimentos
tería que mentir ou dicir toda a verdade e na súa situación
ámbalas dúas solucións eran iguais de horribles
e embarazosas. E tamén a apesaraba unha dúbida: ¿o
seu amor faríame feliz ou complicaría aínda máis
a miña vida, que xa era dura abondo, chea de todo tipo de catástrofes?
Coidaba que xa non era bastante nova para min, nin bastante enérxica,
nin dilixente como para empezar unha nova vida; e a miúdo dicíalle
ó seu home que eu tiña que casar cunha rapaza digna e
intelixente, unha boa ama de casa que puidese axudarme; máis
engadía, que unha rapariga destas características dificilmente
se podería atopar na nosa cidade.
Entrementres, ían pasando os anos. Anna Alexeíevna xa
tiña dous fillos. Cando chegaba eu á casa dos Luganóvich,
a serventa sorríame, amable, os nenos berraban que viña
o tío Pável Konstantínych e pendurábanse
no meu pescozo, e todos se alegraban. Ninguén se daba conta do
que pasase no meu foro interno e crían que tamén me alegraba
eu. Todos vían en min unha persoa nobre. Grandes e pequenos decatábanse
de que pola estancia deambulaba unha persoa nobre, e esta circunstancia
comunicaba ó seu xeito de me trataren unha candidez especial
como se coa miña presencia a vida se volvese máis pura
e fermosa.
Anna Alexéievna e mais eu íamos xuntos ó teatro,
e sempre a pé; sentabamos xuntos, o meu ombreiro rozaba ó
seu. En silencio, eu collía das súas mans os prismáticos
e naquel momento sentía que ela estaba moi preto de min, que
era miña, que non podiamos vivir un sen o outro; mais non sei
por qué malentendido máis raro, despois de saírmos
do teatro sempre nos despediamos e separabamos coma se non nos coñecesemos.
Na cidade xa comezaron a correr rumores de todo tipo, mais en todo canto
se dicía non había nin chisca de verdade.
Nos últimos anos, Anna Alexéievna empezou a visitar máis
a miúdo á súa nai e á súa irmá;
empezou a ter períodos de humor sombrío, xa se daba conta
de que a súa vida non a satisfacía, que era unha vida
botada a perder; e nestes momentos non tiña gana de ver ó
seu marido nin ós seus fillos. Empezou a tratarse dos nervios.
A soas gardabamos silencio, seguímolo gardando; mais en presencia
de estraños ela tiña accesos dunha rara irritación
dirixida contra min: dixese eu o que dixese, nunca estaba de acordo,
e se eu me puña a discutir con alguén ela sempre compartía
a opinión do meu adversario. Se eu deixaba caer algunha cousa,
ela dicía con frialdade: “Parabéns”. Se ó
irmos ó teatro esquecía eu colle-los prismáticos,
amoestábame: “Estaba segura de que os habías deixar
na casa”.
Pero, afortunada ou desafortunadamente, na nosa vida todo acaba, tarde
ou cedo. Chegou o momento de separarnos porque destinaron a Luganóvich
como presidente a unha das provincias occidentais. Tiveron que vende-los
mobles, os cabalos, a casa de campo. Fomos aló e, ó retornar,
botamos derradeiras olladas ó xardín, ó teito pintado
de verde, sentímonos todos tristes, e daquela eu comprendín
que xa era hora de despedírmonos non só da casa de campo.
Acordouse entre todos que no final de agosto habiamos acompañar
a Anna Alexéievna cando marchase a Crimea, ónde a enviaban
os médicos, e un pouquiño máis tarde irían
Luganóvich e mailos fillos á súa provincia occidental.
Fomos toda unha multitude despedir a Anna Alexéievna. Cando xa
se despedira do seu esposo e dos seus fillos e faltaba só un
instante para o último sinal, entrei correndo no seu compartimento
para levarlle unha cesta que por pouco esquece; e, claro, había
que dicirse adeus. Cando alí, no compartimento, se encontraron
os nosos ollos, a forza que reprimía os nosos sentimentos abandonounos,
eu abraceina, ela apertou o seu rostro contra o meu peito e dos seus
ollos correron as bágoas; e beixando a súa cara, os seus
ombreiros, as súas mans molladas de bágoas (¡oh,
que desgraciados nos sentiamos!) confeseille eu o meu amor; e cunha
dor candente no meu corazón comprendín, que inútil,
que mesquiño, que falso fora todo canto obstaculizaba o noso
amor. Comprendín: cando alguén ama, entón ó
razoar sobre o seu amor ten que partir de algo máis elevado,
máis imprescindible cá felicidade ou a desgracia, o pecado
ou a virtude no seu sentido máis corrente; ou non se ten que
razoar en absoluto.
Beixeina por derradeira vez, aperteille a man e despedímonos
(para sempre). O tren xa estaba en marcha. Sentei no compartimento do
lado (estaba baleiro) e fiquei alí a chorar ata a seguinte estación.
Despois fun a pé a casa, a Sófino…
Mentres Aliokhin estivo contando a súa historia cesou a chuvia
e asomou o sol. Burkin e mais Iván Iványch saíron
ó balcón; contemplábase desde alí unha vista
espléndida sobre o xardín e o remanso que agora, coa luz
do sol, parecía un espello –tanto relucía a auga–.
Admiraban a paisaxe e asemade sentían mágoa deste home
de ollos bondadosos e intelixentes que lles falara con tanta sinceridade,
sentían mágoa de que, como xa dixera el mesmo, seguise
afanado nunha actividade frenética, coma un esquío na
súa gaiola, nesta herdade enorme, sen poder dedicarse á
ciencia ou a algunha outra cousa que fixese a súa vida máis
agradable; e pensaban no doloroso que debía se-lo rostro daquela
muller nova cando el se despedía dela no tren e lle beixaba a
cara e os ombreiros.
Os dous a viran na cidade, e Burkin incluso a visitaba e a consideraba
fermosa.
A GROSELLA
Xa desde a mañanciña o ceo estaba anubrado; no campo
non se oía cousa, non ía moita calor, e notábase
ese tedio dun día gris, fusco, cando o ceo, cargado de nubes
dende moi cedo, promete a chuvia que non vén. O médico
veterinario Iván Iványch e o profesor de instituto Burkin
xa estaban cansos de andar e o campo parecíalles infindo. De
lonxe a penas podían albisca-los muíños de vento
que tiñan en fronte, no confín da aldea de Mironósitskoie;
á súa dereita estendíase, perdéndose trala
aldea, unha ringleira de outeiros, e sabían ámbolos dous
que era a beira do río onde había prados, salgueiros verdes,
herdades; e, ó subir a un destes outeiros, podíase enxergar
outro campo, tan extenso coma este, a liña telegráfica
e o tren que de lonxe parecía unha eiruga que reptaba; nos días
claros chegábase a ver incluso a cidade. Naquel instante de serenidade,
cando toda a natureza parecía mansa e meditabunda, Iván
Iványch e Burkin sentían moito agarimo por este campo
e ámbolos dous ían pensando no grande e bela que é
esta terra.
—Cando durmimos no alpendre do alcalde Prokofi –dixo Burkin–,
vostede quixo contarme unha historia.
—Si, entón quixen falar do meu irmán.
Iván Iványch deu un longo suspiro e, para comeza-lo relato,
acendeu a súa pipa, pero xusto neste intre empezou a chover.
Ó cabo duns cinco minutos xa era unha arroiada, tan forte e tan
persistente que era difícil prognosticar cando escamparía.
Iván Iványch e Burkin pararon, indecisos; os cans, xa
enchoupados, pararon tamén, encollidos os rabos, e miraban ós
cazadores cos ollos suplicantes.
—Temos que abrigarnos en algures –dixo Burkin–. Vamos
á casa de Aliokhin. Está aquí cerca.
—Vamos.
Xiraron a un lado e seguiron andando polo campo seiturado, volta en
liña recta, volta torcendo a dereita, ata que saíron a
un camiño veciñal. Axiña apareceron os álamos,
o xardín e logo os tellados vermellos dos celeiros; reluciu o
río, e os dous cazadores viron un amplo remanso cun muíño
e unha caseta de baños branca. Era Sófino, onde vivía
Aliokhin.
O muíño en marcha extinguía o murmurio da chuvia.
Onda os carros estaban os cabalos mollados, coas cabezas gachas, e a
xente andaba cuberta con sacos. O lugar era húmido, lixado, pouco
acolledor, e o remanso parecía sinistro, frío. Iván
Iványch e Burkin xa ían notando en todo o corpo unha sensación
de humidade, sucidade, malestar, as botas pesábanlles por mor
do barro; e cando, despois de cruza-la presa, subían cara ós
celeiros do terratenente, marchaban calados como se estivesen amuados.
Nun dos celeiros oíase unha máquina de cribar; a porta
estaba aberta e por ela saían nubes de po. Na soleira estaba
Aliokhin, o propietario da herdade; era un corentón alto, groso
e melenudo, e parecía máis un profesor universitario ou
un pintor que un terratenente. Levaba unha camisa branca sen lavar durante
non se sabía canto tempo; unha corda servíalle de cinto
e uns calzóns, de pantalóns; as botas estaban cubertas
de barro e pallas. O nariz e os ollos víanselle negros de po.
Recoñeceu a Iván Iványch e a Burkin e, ó
parecer, alegrouse moito.
—Benvidos, señores, pasen á casa –dixo sorrindo–.
Agora vou, un momento.
A casa era grande, de dúas plantas. Aliokhin vivía embaixo,
nas dúas estancias abovedadas e con xaneliñas pequenas,
onde nun tempo viviran os empregados; a moblaxe era rústica;
cheiraba a pan de centeo, vodka barato e arneses. Ás estancias
de arriba, ás dos señores, non subía case nunca,
só cando tiña visitas. Na casa, saíu recibir a
Burkin e a Iván Iványch a ama de chaves, unha muller nova
e tan fermosa que ámbolos dous se pararon á vez e cruzaron
unha mirada.
—Non poden imaxinar, meus señores, canto me alegro de velos
–dicía Aliokhin, entrando tras deles no vestíbulo–.
¡Vaia sorpresa! Pelagueia –dirixiuse á ama de chaves–
ofrézalles ós invitados algo para se cambiaren. A propósito,
tamén eu me vou cambiar. Pero antes teño que ir bañarme,
paréceme non me bañei dende a primavera. Señores,
¿non desexan pasar á caseta de baños? E aquí,
namentres, preparan todo o que se necesita.
A bela Pelagueia, tan delicada e de aspecto tan suave, trouxo sabas
e xabón, e Aliokhin e mailos seus invitados marcharon ós
baños.
— Pois si, xa hai tempo que non me baño –dicía
ó quita-la roupa–. Os meus baños sonlles bos, como
ven; foi meu pai quen os mandou construír; mais o que me pasa
é que nunca teño tempo para bañarme.
Sentou nun chanzo e enxaboou a súa melena e o pescozo; e a auga,
ó seu redor, púxose castaña.
—Si, é certo… –comentou significativamente
Iván Iványch, mirando para a súa cabeza.
—Hai tempo que non me baño –repetiu Aliokhin, algo
avergonzado, e volveu enxaboa-lo pelo; esta vez a auga púxose
dunha cor azul escura coma a tinta.
Iván Iványch saíu da caseta, lanzouse con estrondo
á auga e nadou baixo a chuvia alzando os brazos con amplos movementos,
e ó seu redor íanse formando unhas ondas, e encol delas
abalábanse, brancos, os nenúfares; nadou ata o centro
do remanso, mergullouse e, ó cabo dun minuto, apareceu noutro
sitio e seguiu nadando e mergullándose procurando toca-lo o fondo.
“Oh, meus Deus…” repetía con fruición,
“Oh, meus Deus…” Chegou onda o muíño,
falou un intre cos campesiños e volveu atrás; no centro
do remanso estarricouse expoñendo a súa cara á
chuvia. Burkin e Aliokhin xa estaban vestidos e dispostos para marchar
e Iván Iványch seguía nadando e mergullándose.
—Ah, meu Deus… – dicía–. Oh, vállame
Deus…
—¡Basta xa! –berroulle Burkin.
Retornaron á casa. No salón de enriba xa estaba acendida
a lámpada, Burkin e Iván Iványch, coas batas de
seda e zapatillas quentes, sentaron nas cadeiras de brazos mentres que
o propio Aliokhin, bañado, peiteado, cunha levita nova, andaba
polo salón, gozando, polo visto, coa calor, coa limpeza, coa
roupa seca o co calzado lixeiro; entrou a bela Pelagueia, pisando sen
ruído a alfombra e, co seu sorriso manso, empezou a servirlles
nunha bandexa té con marmelada: só entón Iván
Iványch iniciou o seu relato e parecía que o escoitaban
non tan só Burkin e Aliokhin senón tamén as señoras,
novas e vellas, e os militares que os miraban, serenos e dignos, desde
os marcos dourados que adornaban as paredes do salón.
—Somos dous irmáns –empozou a contar–: eu,
Iván Iványch, e outro, Nikolái, dous anos máis
novo. Eu seguín a carreira das ciencias e fíxenme veterinario,
Nikolái xa empezou a traballar ós dezanove anos nunha
oficina estatal. O noso pai, Chimxá-Himalaiski, fora cantonista2
pero de soldado raso ascendeu a oficial e deixounos o título
de nobreza hereditaria e unha leiriña minúscula. Morto
noso pai, á leiriña levárona as débedas;
mais fose como fose pasámo-la nosa nenez no campo, ceibes.
»Igual cós fillos dos campesiños, pasabámo-los
días e as noites no campo, na fraga, gardabámo-los cabalos,
pescabamos, arrincabamos casca das árbores3 e un longo etcétera.
Mais xa se sabe: quen algunha vez na súa vida, aínda que
fose a única, pescou un peixiño, por pequeno que fose,
ou viu pasar merlos en outono, cando, nos días claros e frescos,
sobrevoan, en bandadas, unha aldea, xa nunca será o home de cidade
e sempre, ata a último instante, sentirá a chamada da
vida ceibe. Na oficina estatal, o meu irmán consumíase
coa señardade. Os anos ían pasando e el seguía
sentado no mesmo sitio, escribindo os mesmos papeis e pensando no mesmo:
cómo escapar ó campo. E, ós poucos, esta señardade
tornouse nun soño, o de mercar un eido pequeno en algures á
beira dun río ou dun lago.
»Era un home manso e bo. Eu amábao, mais endexamais compartín
esta súa arela de choerse para o resto dos días nunha
herdade que lle pertencese. Adóitase dicir que ó home
lle bastan dous metros de terra. Pero eses dous metros bástanlle
a un cadáver e non a un home. E tamén disque é
unha cousa boa que a nosa xente culta sexa atraída pola terra
e aspire a ter unha herdade. Pero estas herdades non son senón
eses mesmos dous metros de terra. Abandona-la cidade, a loita, o mundanal
ruído, abandonalo todo e agacharse no seu eido, isto non é
vida, senón egoísmo, nugalla; é unha especie de
vida monástica, pero a dun monxe sen devoción. O que necesita
un home non son dous metros de terra nin unha herdade senón todo
o globo terráqueo, toda a natureza para que poida ceiba-las calidades
e particularidades do seu espírito libre.
»Sentado na súa oficina, o meu irmán Nikolái
soñaba que comería sopa de verduras da súa propia
colleita, unha sopa que despedise o seu cheiro delicioso por toda a
eira, e que a comería sentado na herbiña verde; soñaba
que había durmir ó sol, que había pasar horas enteiras
contemplando desde un banco colocado na rúa, a carón do
portalón, o campo e o bosque. A súa maior alegría,
o seu alimento espiritual favorito eran os libros de agricultura e todas
esas recomendacións que saen nos almanaques; tamén lle
gustaba a lectura dos periódicos, mais lía só os
anuncios: véndense tantas desiatinas4 de
terra de labor e prado, con leira, río, horta e xardín,
muíño e estanques con auga corrente. E no seu maxín
debuxábanse vereas do xardín, flores, froitas, casiñas
para estorniños5, peixiños no estanque, ben, xa saben vostedes,
todo iso. Cada cadro imaxinario aparecía diferente, consonte
o anuncio que o meu irmán estaba a ler; pero, por unha razón
inexplicable, nunca faltaron neles arbustos de grosella verde. Non había
nin un agro nin unha paisaxe poética que o meu irmán vise
sen estes arbustos de grosella.
»“A vida campesía ten as súas vantaxes”,
dicía en ocasións. “Estás sentado no teu
balcón, tomando té, ves nada-los teus parruliños
no teu estanque, o aire cheira moi ben e… e hai arbustos de grosella.
»Debuxaba planos da súa herdade e sempre viña se-la
mesma cousa: a) a casa señorial, b) a da servidume, c) a horta,
d) a grosella. Vivía miserento: aforraba mesmo en comer e beber,
vestía con roupa rota e vella, coma un esmoleiro, non gastaba
nada, gardando todo nun banco. Era horriblemente mesquiño. A
min dábame mágoa velo, e facíalle algúns
obsequios, mandáballe agasallos para as festas; mais todo isto
tamén o gardaba. Cando un home está obsesionado por unha
idea fixa, non hai nada que lle facer.
»Ían pasando os anos, ó meu irmán trasladárono
a outra provincia; andaba xa polos corenta, mais seguía lendo
anuncios nos xornais e aforrando. Ó cabo dun tempo, chegoume
a noticia de que acababa de casar. Obcecado pola súa meta, casou
cunha viúva, vella e fea, sen amor nin nada diso, só porque
tiña cartos. Con ela, seguiu a vivir do mesmo xeito miserento,
manténdoa en xaxún, e puxo os cartos dela nun banco, ó
nome del. Nas súas primeiras nupcias a muller fora casada cun
administrador de Correos e estaba acostumada a tomar licores con pasteis,
mais na casa do seu segundo consorte a penas vía sequera o pan
de centeo; coa vidiña que levaba, empezou a desmellorar e ó
cabo duns tres anos finou. E, por suposto, pola cabeza do meu irmán
nin pasou a idea de ter sido el culpable da súa morte. Os cartos,
coma o vodka, producen desequilibrios na mente humana. Na nosa cidade
houbo un comerciante que, pouco antes de morrer, mandou que lle servisen
un prato de mel e, con este mel, comeu tódolos billetes que tiña,
os de banco e os de lotería, para que ninguén os herdase.
Unha vez estaba eu nunha estación ferroviaria, facendo a inspección
do gando, e aconteceu que un feirante caeu baixo dunha locomotora que
lle cortou unha perna. Levámolo á enfermaría, o
sangue xurdindo a chorros, algo horroroso, e ó home pedindo tan
só que buscasen a súa perna, que tiña gardados
na bota vinte rublos, non vaia ser que se perdesen.
—Ben, isto é outro cantar –dixo Burkin.
—Pois, cando lle morreu a muller –proseguiu Iván
Iványch despois dunha breve pausa– púxose meu irmán
a buscar unha propiedade. Xa sábese dabondo: pódese pasar
non sei cantos anos buscando e pescudando, para, finalmente, trabucarse
e quedar con algo que non ten nada que ver co que se imaxinaba soñando.
O meu irmán Nikolái, coa mediación dun comisionista
e cun empréstito, comprou cento doce desiatinas de terra,
cunha casa señorial, outra para a servidume e un parque, pero
non había alí nin horta de árbores froiteiras,
nin groselleira, nin estanques con parruliños; había un
río, iso si, pero a auga era de cor café porque na súa
beira, nunha banda do seu campo estaba unha fábrica de ladrillos,
e na outra unha de reciclaxe de residuos óseos. Pero o meu Nikolái
Iványch non sentiu moita dor: encargou vinte arbustos de grosella,
plantounos e empezou a vivir como terratenente.
»O ano pasado fun velo. Vou, pensei, a ver como lle vai a vidiña.
Nas súas cartas, o meu irmán designaba a súa propiedade
da seguinte forma: Erial Chumbaróklovo, outrosí
Himaláiskoie. Cheguei a “outrosí Himaláiskoie”
despois do mediodía. Ía moita calor. Por tódolos
sitios había gabias, valados, cerrumes, abetos plantados en tenzas,
de xeito que non se sabía nin como entrar no patio, nin onde
deixa-los cabalos. Camiño eu cara á casa, e velaí
que vén ó meu encontro un can roibo, tan cebado que máis
semella un porco. Quere ladrar, pero dálle preguiza. Despois
saíu da cociña unha cociñeira, descalza, repoluda,
tamén semellaba a un porco; díxome que o señor
estaba botando a sesta. Entro eu no seu cuarto: está sentado
na cama, tapados os xeonllos cunha manta; vino envellecido, engordado,
inflado; as fazulas, o nariz e mailos beizos tíñaos avultados,
e parecía que dun instante a outro ía gruñir coma
un porco.
»Abrazámonos, deixamos caer unhas bágoas de ledicia
e de tristeza ante a evidencia, pois se xacando fomos novos, agora tiñamos
canas e próxima a hora da morte. Vestiuse e levoume a ve-la súa
herdade.
»“¿Que tal che vai a vida?”, pregunteille.
»“Pois xa ves, gracias a Deus, vivo ben.
»Xa non era o chupatintas doutros tempos, timorato e pobriño,
senón un auténtico terratenente, todo un señor.
Afixérase a esa vida, colléralle agrado e gusto: comía
moito, lavábase nos baños rusos, ía engordando,
xa tivera preitos coa comunidade e con ámbalas dúas fábricas
e amuábase moitísimo cando, ó falaren con el, os
campesiños non o trataban de “súa señoría”.
E da salvación da súa alma coidaba con moita gravidade,
como cómpre ós señores; e as súas boas obras
non as facía con humildade, senón con oufanía.
¿E que boas obras eran? Curaba tódalas doenzas dos campesiños
con bicarbonato de sodio ou con aceite de rícino e o día
do seu santo pagáballe ó pope da súa parroquia
as pregarías en acción de gracias e despois convidaba
á xente aldeá a un medio balde de vodka, convencido de
que así se tiñan que face-las cousas. ¡Ah, eses
horrorosos medios baldes! Hoxe o groso señorito leva a uns campesiños
ante o xuíz de distrito porque o gando deles pisou as terras
del, mais ó día seguinte que é, xustamente, o da
festa, ofrécelles o medio balde de vodka, e eles, ¡ala!,
a beber, a berrar ¡hurra! e, xa borrachos, saúdano dobrando
o lombo ata tocaren a terra coa fronte.
»Calquera mellora na vida, a fartura, a folganza, fan agromar
nun home ruso a fachenda máis insolente. Nikolái Iványch,
que na oficina tivera medo mesmo a abrigar no seu foro interno as opinións
propias, agora canto dicía eran grandes verdades; e no mesmo
ton coma se fose todo un señor ministro: “A educación
é necesaria, pero instruí-lo pobo é aínda
prematuro”. “Como norma, os castigos corporais son unha
cousa nociva, mais nalgúns casos son proveitosos e imprescindibles”.
»“Eu si que coñezo ó pobo e sei como tratalo”,
insistía. “O pobo chan quéreme. Bástame con
mover un dedo e, para min, o a xente do común fará canto
eu queira”.
»E todo iso, decátense, dicíao cun sorriso bondadoso
e intelixente. Repetiume unha vintena de veces: “nós, os
nobres” e “eu, como nobre que son”; evidentemente,
xa non se lembraba que o noso avó fora campesiño e o noso
pai soldado raso. Incluso o noso apelido, Chimxá-Himalaiski,
en realidade, absurdo, parecíalle agora sonoro, aristocrático
e moi ameno.
»Pero máis que do meu irmán quería eu falarlles
a vostedes de min. Quería explicárlle-lo cambio que se
producira en min durante as poucas horas que pasara no eido do meu irmán.
Polo serán, cando tomabamos té, a cociñeira serviunos
un prato cheo de grosella verde. Non era a grosella comprada, non, senón
a da propia colleita do meu irmán, os primeiros froitos desde
que foron plantados os arbustos. Nikolái Iványch rompeu
a rir e estivo un intre ollando para o prato, calado e coas bágoas
nos ollos; despois puxo un boliño verdello na boca, fitoume coa
expresión triunfal dun neno que acaba de recibi-lo xoguete máis
desexado e dixo:
»“¡Que rico!”
»Empezou a devorar con avidez os pequenos froitos verdellos, repetindo:
»“¡Oh, que rico! ¡Proba, proba!
»A grosella era aceda e dura; mais, nas palabras de Puxkin, “unha
mentira que nos enaltece apreciámo-la máis que mil verdades”6.
Tiña eu diante de min un home feliz, que realizara de forma tan
evidente o seu soño máis entrañable, que acadara
a súa meta na vida, que obtivera o que sempre desexara, que agora
estaba satisfeito co seu destino, consigo mesmo. Cando pensaba eu na
felicidade humana, os meus pensamentos sempre ían tinguidos,
non sei por qué, dunha especie de tristeza; e agora, ante a presencia
dun home feliz sentín un pesadume raiano ó desespero.
»Mais cando me sentín mal de veras foi pola noite. Fixéronme
a cama no cuarto contiguo ó dormitorio do meu irmán; e
pola noite varias veces oín a Nikolái, desvelado, levantarse
da cama e acercarse ó prato de grosella para tomar un boliño
verde tras outro. E eu, namentres, pensaba: ¡cantas son, en realidade,
as persoas satisfeitas e felices! ¡Que forza esmagadora é!
Se fixan vostedes a vista na vida nosa ¿que verán? A insolencia
e a folganza dos fortes, a ignorancia e o salvaxismo dos débiles,
por todas partes unha indixencia total, gregarismo, dexeneración,
borracheiras, hipocrisía, falacia… Entrementres, en tódalas
casas, en tódalas rúas reinan a paz e o silencio; entre
os cincuenta mil veciños desta cidade non hai alguén que
grite, que erga a súa voz indignada.
»Vémo-los que veñen ó mercado comprar alimentos,
ós que de día comen, de noite dormen; vemos ós
que andan por aquí e acolá dicindo parvadas, que casan,
envellecen e levan, apracibles, os seus finados ó camposanto;
mais nin vemos nin oímos ós que sofren; e todo o que a
vida ten de medorento pasa algures tralo escenario. Todo é paz
e silencio, só protestan as mudas estatísticas: tantos
individuos entoleceron, bebéronse tantos baldes de vodka, tantos
nenos morreron de desnutrición… E esta orde de cousas parece
necesaria, parece que un home feliz se sinta tal só porque os
infelices soportan a súa carga en silencio e porque sen este
silencio a felicidade non existiría. É coma unha hipnose
colectiva. Fainos falta que trala porta de todo home feliz e satisfeito
estea alguén cun marteliño quen lle faga lembrar, coas
súas marteladas, que no mundo hai infelices, que, por moi feliz
que se sinta, tarde ou cedo a vida halle amosa-las súas gadoupas
e tamén el ha coñece-la infelicidade: doenza, pobreza,
morte e entón ninguén o verá nin oirá como
agora el mesmo non ve nin oe a ninguén. Mais o tal home do marteliño
non existe, o home feliz vive a súa vida, os pequenos desgustos
cotiáns aféctano moi por riba, igual que un ventiño
a un álamo; e todo lle vai moi ben.
»Aquela noite comprendín que tamén eu era feliz
e esrtaba satisfeito –proseguiu Iván Iványch, póndose
de pé–. Que eu tamén, nas conversas durante unha
comellada ou unha caza, predicaba como é que se tiña que
vivir e en qué verdades había que crer e cómo se
debía goberna-lo pobo. Tamén eu dicía: a educación
é boa, é luz, é necesario instruírse, mais
para a xente do común abonda, de momento, coas catro regras.
A liberdade é un ben, dicía eu, é imprescindible
coma o aire que respiramos, mais por agora hai que agardar un pouco.
Si, así falaba eu, mais agora pregunto: agardar ¿en nome
de que? –dixo Iván Iványch, fitando con severidade
a Burkin. “Agardar, ¿en nome de que?”, pregúntolles
eu a vostedes. ¿En nome de que argumentos? Dinme que non se pode
facer todo da noite á mañá, que na vida toda idea
se fai realidade a modiño, ó seu tempo. ¿Mais quen
o di? ¿Quen pode demostrar que isto é xusto? Vostedes
hanse remitir á orde natural das cousas, á lei intrínseca
dos fenómenos; pero ¿que orde e que lei esixe que eu,
un home que vive e pensa, atopándome diante dun foso, agarde
que este, por si só, se enche de terra ou de argazos, mentres
que é posible que eu poida saltalo ou botar, enriba del, unha
ponte? E dígolles outra vez: ¿en nome de que? Seguir agardando
ata que xa non haxa forzas para vivir e, namentres, se ten que vivir
e se ten ganas de vivir!
»Daquela abandonei a casa do meu irmán pola mañanciña;
mais dende entón xa non aturo a vida urbana. Oprímenme
o silencio e a paz, dáme medo iso de dirixi-la vista cara ás
xanelas de casas alleas porque agora para min non hai espectáculo
máis deprimente có dunha familia feliz que está
tomando té sentados todos ó redor da mesa. Eu xa vou vello,
xa non sirvo para loitar nin sequera son capaz de odiar. Só me
doe a miña alma, amúome; e polas noites férveme
a cabeza de tantas ideas que me veñen, e non podo durmir…
¡Ah, se fose novo!
Iván Iványch paseou desacougado dun extremo a outro da
estancia e repetiu:
—¡Se fose novo!
De socato, achegouse a Aliokhin e empezou a apertarlle unha e a outra
man.
—¡Pável Konstantínych! –balbuciu cun
ton suplicante–. Non deixe que se o adormenten, non acougue! ¡Mentres
sexa novo, forte e animoso, non deixe de face-lo ben, sen cansar! A
felicidade non existe nin fai falla que exista, e se a vida ten unha
razón e unha finalidade, esta razón, esta finalidade non
son a nosa felicidade, nin de lonxe, senón algo mais significativo
e grande. ¡Faga o ben!
E todas estas palabras pronunciounas Iván Iványch cun
sorriso magoado e suplicante, coma se lle suplicase a Aliokhin que lle
fixese un favor a el propio.
Os contertulianos quedaron calados. Permanecían silenciosos nas
súas cadeiras de brazos nos tres extremos do salón. Nin
Burkin, nin Aliokhin gozaron do conto de Iván Iványch.
Neste salón, onde, encadrados nos marcos dourados, os xenerais
e as damas parecían cobrar vida e mira-los presentes na luz crepuscular,
aburría a historia dun triste chupatintas que comía grosella.
Non se sabe por que razón aquí apetecía máis
contar ou escoitar historias sobre a xente fina e as mulleres. Neste
salón, todo –a inmensa araña de cristal enfundada,
as cadeiras de brazos e as alfombras do chan– todo evocaba outros
tempos, cando por aquí se moveran, conversaran, tomaran té
estas mesmas persoas que agora os miraban, encadradas nos seus marcos;
e agora andaba por aquí a bela Pelagueia cos seus pasos silandeiros;
e todo isto era mellor que calquera conto.
Aliokhin tiña moito sono; madrugara demais, levantándose
ás tres para empeza-la faena, e agora pechábanselle os
ollos, pero temía que os seus invitados contasen na súa
ausencia algunha cousa de interese e por iso non ía durmir. Se
era razoable e xusto o que acababa de dicir Iván Iványch,
non era o que lle importase: polo menos, os hóspedes non falaron
nin dos cereais, nin da palla, nin do breo, senón de algo que
non tiña moito que ver coa súa vida e el sentíase
tan contento, desexaba tanto que continuasen…
—Ben, xa é hora de durmir –dixo Burkin poñéndose
en pé–. Boas noites, co seu permiso.
Aliokhin despediuse e marchou para as súas estancias de abaixo;
os invitados ficaron enriba. Para pasa-la noite preparáronlles
un cuarto espacioso onde había dúas camas antigas de madeira
tallada, e nun recanto había un crucifixo de marfil; as camas
amplas e frescas que arrombara a bela Pelagueia despedían o cheiro
ameno da roupa lavada. Iván Iványch espiuse en silencio
e deitouse.
—¡Señor, perdóanos, ós pecadores! –murmurou
e tapouse, cubrindo mesmo a cabeza.
Da súa pipa, deixada encol da mesa, saía un cheiro forte
a tabaco queimado, e Burkin tardou en adormecer, sen dar entendido de
onde viña este cheiro asfixiante.
A chuvia estivo batendo nos vidros durante toda a noite.
O HOME ENFUNDADO
No extremo mesmo da vila de Mironósitskoie, no alpendre do alcalde
Prokofi acomodáronse para pasa-la noite dous cazadores tardeiros.
Eran Iván Iványch7, médico veterinario,
e Burkin, profesor de instituto. O apelido de Iván Iványch
era dobre e bastante raro: Chimxá-Himalaiski; non lle cadraba
ben e polo tanto en toda a provincia chamábanlle polo seu nome
e mailo patronímico; vivía preto dunha remonta de cabalos
fóra da cidade e saíu de caza para respirar un pouco de
aire puro. En canto a Burkin, profesor de instituto, adoitaba vir tódolos
veráns a esta bisbarra, invitado polos condes P., e xa dende
hai tempo coñecía estas terras e xentes.
Non durmían. Iván Iványch, un vello alto, fraco,
de longos bigotes, estaba sentado fóra, na porta, e fumaba a
súa pipa a pleno luar. Burkin deitárase dentro, sobre
o feo, e desde fóra non se vía nas tebras.
Estaban contando historias. Falouse, entre unhas cousas e outras, de
Mavra, a muller do alcalde: era unha persoa de boa saúde, non
tiña nada de parva, mais en toda a súa vida non saíra
da aldea; endexamais vira nin cidades nin ferrocarrís, pasara
os últimos dez anos sentada nun curruncho preto da estufa e saía
á rúa tan só de noite.
—¡É abraiante! –dixo Burkin–. Neste mundo
hai unha chea de xente solitaria porque naceron así, son coma
un cangrexo eremita ou un cascarolo, péchanse na súa cuncha.
Poida que sexa un fenómeno atávico, un retorno ó
tempo en que o ascendente do home non era aínda un animal social
e vivía solitario na súa espenuca; tamén poida
que só sexa unha das variedades do carácter humano, ¿quen
sabe? Non lle son profesor de ciencias naturais, estas cousas non son
da miña incumbencia, o que quero dicir é tan só
que persoas como Mavra son bastante comúns. Por exemplo, olle,
sen irmos lonxe, na nosa cidade, haberá un par de meses, morreu
un tal Bélikov, profesor de grego, que traballara no mesmo instituto
ca min, vostede xa oíu falar del, ¿non si? Tiña
unha peculiaridade que o marcaba: sempre saía á rúa
con paraugas e chancas, incluso cun tempo espléndido; e, infaliblemente,
cun abrigo acolchado, de inverno.
»E levaba enfundado o seu paraugas, e tamén o seu reloxo
estaba sempre nunha funda de ante gris; e incluso un canivete, que usaba
para sacarlle punta ó lapis, levábao gardado nunha fundiña…;
e mesmo a súa cara parecía enfundada porque sempre a agochaba
no colo levantado do abrigo. Usaba anteollos escuros, camisetas de la,
tapaba os oídos co algodón, e, ó alugar un coche,
mandáballe ó cocheiro que subise a capota. Nunha palabra,
amosaba o home unha tendencia permanente e irreprimible a cinguirse
cun envoltorio creando unha especie de estoxo que o illase e protexese
do mundo de fóra. A realidade alporizábao, amedrentábao,
mantendo nun estado de inquedanza permanente; e, se cadra, para xustifica-la
súa timidez e o medo que lle daba o presente, sempre encomiaba
o pasado e todo o que nunca existira; e incluso as linguas antigas que
ensinaba, eran para el, de verdade, as mesmas chancas e paraugas que
o protexían contra a realidade da vida.
»“¡Oh, que sonoro é o idioma grego, que fermoso!”,
dicía nun ton meloso; e, como se fose a modo de exemplo, pronunciaba,
musgando os ollos e cun dedo levantado: ¡Antropos!8
»Tamén teimaba en enfunda-las súas ideas. Só
lle parecían claros os artigos de diarios e as circulares nos
que se prohibise algo. Cando nunha circular se prohibía ós
alumnos que saísen á rúa despois das nove da noite,
ou nun artigo se condenaba o amor carnal, para el a cousa estaba clara
e tallante: prohibido, e punto. En canto ás autorizacións
e anuencias, sempre vía nelas algo disimulado e dubidoso, algo
confuso e sen acabar de explicar. Cando na cidade se concedía
permiso para organizar un teatro de afeccionados ou poñer unha
sala de lectura ou de té, Bélikov meneaba a cabeza e dicía
polo baixo:
»“Todo iso está ben, de acordo, moi ben mesmo; mais
non vaia ser que pase algo!”
»Todo o que infrinxise, torcese ou violase as normas, producía
nel un abatemento total aínda que non tivese nada de ver con
el. Se alguén dos seus colegas chegaba tarde á misa, se
circulaba unha rexouba sobre algunha trasnada de alumnos ou sobre unha
titora do instituto para as rapazas á que viran saír,
xa entrada a noite, cun oficial, Bélikov sobresaltábase
moito e repetía sen parar: “Non vaia ser que pase algo”.
»Nas xuntas de profesores Bélikov sempre nos amolaba coas
súas cautelas, desconfianzas e suxestións realmente enfundadas,
poñamos por caso a seguinte: que no instituto dos rapaces ou
no das rapazas a xente nova se portaba mal e facía moito barullo
nas clases (¡oh! non vaia ser que iso chegue á dirección,
non vaia ser que pase algo), Bélikov suxería que se botasemos
a Petrov da segunda clase e a Yegórov, da cuarta, todo iría
moito mellor. ¿Ben, e logo? Pois cos seus suspiros e laios, cos
seus anteollos escuros sobre a cara lívida e pequerrecha, un
fociño pequerrecho, sabe, coma de furón, podía
connosco, con todos, e cediamos: para empezar, baixabámoslles,
a Petrov e a Yegórov, a nota en conducta, despois encerrabámolos
na cela para penalizados e, finalmente, botabámolos do instituto.
»Tiña un costume estraño: vir de visita ás
nosas casas. Chegaba á casa dun colega, sentábase e permanecía
sen falar, coma se estivese fisgando. Pasaba unha horiña ou dúas
deste xeito, sentado e sen falar; e logo marchaba. Nas súas palabras
chamábase este rito “manter boas relacións cos compañeiros”;
custáballe esforzos, era evidente; non obstante cumpríao
por considerar que era o seu deber de compañeiro.
»Nós, os profesores, tiñámoslle medo. Mesmo
o noso director lle tiña medo. Xa ve vostede que cousa máis
rara: tódolos profesores nosos sonlle a xente que pensa, a xente
honradísima, educada en Turguiénev e Xchedrín9;
pois ben, durante nada menos que quince anos ese individuo diminuto,
sempre con chancas e paraugas, tivo nun puño a todo o instituto.
Mais ¡que digo, o instituto! ¡Toda a cidade! As nosas señoras
cultas deixaron de organizar espectáculos os sábados nas
súas casas, porque tiñan medo de que se decatase Bélikov;
os popes non ousaban nin comer carne, nin xogar ás cartas na
súa presencia. Nos últimos dez ou quince anos na nosa
cidade, por culpa de personaxes coma Bélikov, a xente empezou
a ter medo a todo. Medo de falar en voz alta, enviar cartas, trabar
amizades, ler libros; medo de axudar ós pobres, de ensinarlles
a ler e a escribir…
Iván Iványch gargarexou coma se quixese dicir algo, pero
antes acendeu á súa pipa, ollou para a lúa e despois
dixo pausadamente como para subliñar cada palabra:
—Si. A xente que pensa, como di vostede, a xente honrada, lendo
a Xchedrín e a Turguiénev e a todos eses Buckle10 e un longo
etcétera; e xa ve vostede: viviron baixo a súa férula,
tiveron que aturalo… Aí está a cousa.
—Bélikov vivía no mesmo edificio onde vivo eu –proseguiu
Burkin–, e na mesma planta, a súa porta estaba en fronte
da miña, viámonos a miúdo e eu coñecía
a súa vida doméstica. Pois na casa vivía do mesmo
xeito: unha bata, un gorro de durmir, os poxigos, as pechaduras e unha
morea de prohibicións e restriccións e “oh, non
vaia ser que pase algo!”
»A comida de vixilia non é boa para a saúde; e non
se pode come-la carne porque algúns dirán que Bélikov
non cumpre coas vixilias; e Bélikov comía peixe con manteiga:
non era comida de vixilia aínda que tampouco se podía
dicir que fose de xaxún.
»Non tiña criadas, por medo a que a xente interpretase
mal a presencia feminina na súa casa; tiña un cociñeiro,
que se chamaba Afanasi, un sesentón sempre bébedo e medio
tolo; nun tempo servira de ordenanza dun oficial e sabía algo
de guisar. Este Afanasi pasaba a vida xunto á porta do piso,
cruzados os brazos e rosmaba, suspirando e repetindo: “¡Xa
son tantos, eses condenados!”
»O dormitorio de Bélikov era exiguo, semellaba un caixón;
a cama tiña cortinas. Ó deitarse tapaba mesmo a cabeza:
ía moita calor, tanta que abafaba, o vento petaba nas portas
pechadas, crepitaba a estufa, da cociña oíanse suspiros,
uns suspiros medorentos…
»E Bélikov, baixo da súa manta, tiña medo.
Tiña medo de que pasase algo, de que Afanasi lle cortase o pescozo,
de que entrasen ladróns; e durante toda a noite tiña pesadelos;
e pola mañá, cando iamos xuntos ó instituto, tiña
un aspecto apagado, descolorido e notábase que o instituto, este
enxame de xente ónde nos dirixiamos, infundíalle medo
e noxo viscerais e que incluso marchar ó meu lado a el, un solitario
innato, lle custaba un grande esforzo.
»“¡Como barullan os nosos alumnos, tanto ruído
dentro das aulas!”, dicía como se buscase unha xustificación
do seu abatemento. “ Non é normal”.
»Pois este profesor de grego, este home enfundado, imaxínese,
estivo a piques de casar.
Iván Iványch botou unha ollada para dentro do alpendre
onde estaba o narrador e dixo:
—¿É unha chacota?
—Pois si, por raro que pareza, estivo a piques de casar.
»Veu para a nosa cidade un tal Kovalenko, Mikhaíl Sávvich11
Kovalenko, un novo profesor de historia e xeografía do noso instituto.
Era ucraíno12. Non veu só, senón que
trouxo a súa irmá, que se chamaba Váreñka13.
Era o Kovalenko un mozo novo, alto, cunhas mans enormes; mesmo polo
seu aspecto notábaselle que tiña voz de baixo e, en efecto,
soaba a súa voz como se saíse dun barril: bu-bu-bu…
A irmá xa non era tan nova, tería uns trinta, pero tamén
era alta, baril, de sobrecellas negras e fazulas coloradas, en resumo,
o que se di, unha moza carrapucheira; arroutada, algareira, sempre cantando
cancións ucraínas e rindo a gargalladas. Por calquera
cousa botando unhas risadas sonoras: ¡ha, ha, ha!
»Lémbrome do primeiro encontro cos Kovalenko: foi na casa
do noso director, ó celebrármo-lo día do seu santo.
Entre os pedagogos, tan estirados e aburridos que mesmo ás festas
onomásticas van por cumprir cunha obriga, de súpeto vimos
una nova Venus, coma se acabase de xurdir de entre escuma: andaba con
donaire, ría a gargalladas, cantaba, bailaba… Cantou con
moito sentimento o célebre romance “Sopran ventos”14,
seguido de dúas cantigas mais, e enfeitizounos a todos, incluso
a Bélikov.
Este sentou a carón dela e dixo, cun sorrisiño meloso:
“A lingua da Pequena Rusia15, coa súa suavidade e o seu son
tan ameno, semella ó grego antigo”.
»Sentiuse afagada a moza e empezou a contarlle, moi arrufada
e briosa, que na súa terra, no distrito de Gadiach, tiña
unha herdade, onde vivía a súa naiciña e ¡que
se daban alí unhas peras e uns melóns e unhas cabazas...!
Mais “a cabaza”, en ucraíno, quere dicir outra cousa
que en ruso é berenxena, e os ucraínos fan unha sopa de
verduras “¡tan rica, tan rica que é de medo!”
»Ó escoitarmos estas lerias, todos tivemos, asemade, a
mesma idea.
»“Non estaría mal casalos”, díxome,
en voz baixa, a señora do noso director.
»Non sei por que razón demos todos en que o noso Bélikov
estaba solteiro; e pareceunos cousa rara que ata daquela non o notasemos,
non nos tivesemos decatado deste detalle tan importante. ¿Que
actitude mantén coas mulleres, como resolve este problema primordial?
Antes, este tema non nos interesou cousa; se cadra, nin nos pasou pola
mente que unha persoa coma el, un home que, fixese o tempo que fixese,
usaba chancas e durmía baixo dunha cortina puidese namorarse.
»“Xa pasou unha boa tempada despois de el face-los corenta,
e ela ten trinta…”, aclarou a súa idea a señora.
“Coido que a rapaza non o rexeitaría”.
»¡Aquí, en provincias, por fastío puro fanse
tantas absurdezas, tantas cousas innecesarias! Será porque non
se fai nada que sexa realmente necesario. Un exemplo: ¿que necesidade
tivemos de conseguir que casase este Bélikov, un tipo ó
que nin era posible imaxinar casado? Mais a señora do director,
a do inspector e tódalas señoras do noso instituto colleron
ánimos, ata melloraron de aspecto, coma se de súpeto atopasen
unha meta na vida.
»A señora do director aluga un palco e ¿quen está
a carón dela? Váreñka, cun abano moi rechamante
e así de grande, radiante e feliz, e cabo dela está o
noso Bélikov, pequerrecho, enconicado, coma se o tivesen arrincado
da súa casa cunhas tenaces. Convido eu a xente para unha festa,
e as señoras teiman en que invite a ámbolos dous, a Váreñka
e a Bélikov. Nunha palabra, botou a roda-la bóla.
»Resultou que Váreñka non tiña nada en contra
do matrimonio. A súa vidiña, na casa do irmán,
non era, precisamente, divertida. Pasaban días enteiros rifando
e discutindo. Velaquí vai unha escena típica: anda o Kovalenko
pola rúa, alto, varudo, rexo, cunha camisa bordada e un floco
de pelo mesto que lle cae sobre a fronte, saíndo fóra
da gorra16; ten nunha man un paquete de libros, noutra, un bastón
groso e nodoso. Ségueo a súa irmá que tamén
leva libros.
»“¡Pero, Mikháilik17, se non o liches!”,
asegura en voz alta ela. “¡Dígocho, xúrocho,
non o liches nunca!”
»“¡E eu dígoche que si, que o lin!”,
berra o Kovalenko, facendo retumba-lo seu caxato contra o empedrado.
»“¡Pero, polo Noso Señor, Mínchik18! ¿Por
que te encabuxas? Se é que estamos a falar de problemas xerais.”
»“¡Estou dicíndoche que o lin!”, berra
o Kovalenko en voz aínda máis forte.
»E cando os Kovalenko estaban na casa, se alguén ía
alí de visita sempre encontraba o irmán e a irmá
metidos a pelexar. Váreñka, que xa debía estar
farta desta vidiña, de certo desexaba te-lo propio fogar; ademais,
tómese en conta a súa idade, a estas alturas xa non dá
tempo para escoller, casa unha con calquera, mesmo cun profesor de grego.
E unha cousa máis cómpre ter en conta: para as máis
das nosas señoritas, o que máis importa é casar;
con quen, xa importa menos. Sexa como fose, Váreñka vía
ó noso Bélikov con bos ollos.
»¿E o devandito? Pois tamén ía de visita
á casa dos Kovalenko igual que ás nosas. Entraba, sentaba
e non dicía cousa. Non dicía cousa, e Váreñka
a cantarlle “Sopran ventos”, fitándoo, absorta, cos
seus ollos castaños; ou, de socato, a solta-las súas risadas
sonoras: ¡ha, ha, ha!
»A suxestión pode moito nas cousas do amor e aínda
mais, nas do casamento. Tódolos colegas e as señoras deles
puxéronse a convencer a Bélikov de que tiña que
casar, que xa non lle quedaba outra cousa que facer nesta vida senón
casar. Todos o felicitabamos, diciámoslle, pondo caras moi solemnes,
as banalidades máis estúpidas, como, por exemplo que o
matrimonio é un paso moi serio na vida. Ademais, Váreñka
era bastante ben feita, era atractiva, filla dun conselleiro de Estado19,
posuidora dunha herdade; e, o máis importante, fora a primeira
muller que o tratara con simpatía, case con agarimo. O noso Bélikov
acabou por perde-la cabeza e pensou que, de verdade, tiña que
casar.
—Velaquí para vostedes, única oportunidade para
lle quitaren, entre todos, as chancas e o paraugas
–comentou Iván Iványch.
—Pois, imaxínese, resultou imposible. Bélikov colocou
sobre o seu escritorio unha fotografía de Váreñka
e deu en visitarme tódolos días para falar comigo dela,
da vida de familia; e de que o matrimonio era un paso moi serio na vida;
tamén visitaba a miúdo a casa dos Kovalenko, mais non
cambiou en absoluto o seu modo de vivir. Mais ben, sucedeu ó
revés: a resolución de casar afectouno de xeito case que
enfermizo: avagou, púxose aínda máis pálido
e parecía terse ensumido aínda máis dentro da súa
funda.
»“Varvara Sávvixna20 agrádame” dicía
cun sorrisiño feble e torcido, “e sei que toda persoa ten
que casar, pero… xa ve vostede, todo iso pasou así de golpe…
Hai que pensalo.”
»“¿Pero, home, por que ten que pensalo?”, retrucaba
eu. “Case, e xa está”.
»“Non, o casamento élle un paso serio na vida, antes
de que cases tes que sopesa-lo todo, as obrigas futuras, a responsabilidade…
non vaia ser que despois pase algo. Todo iso preocúpame moito,
non sabe; desvélome tódalas noites. E, teño que
confesa-lo, dáme medo: ela e mailo seu irmán teñen
un modo de pensar máis ben raro… Razoan ámbolos
dous dun xeito máis ben raro ¿sabe? E ten ela un carácter
moi afouto… Casa un, e despois, Deus non o queira, hase ver metido
nunha maraña.
»E demoraba en declararse, adiando o momento, para o maior amúo
da señora do director e outras; e, namentres, case tódolos
días daba paseos con Váreñka, pensando, se cadra,
que na súa situación era o máis apropiado.
ȃ moi posible que finalmente acabase por declararse e
que se realizase un deses matrimonios absurdos e estúpidos dos
que se dan tantos nas nosas terras por fastío e nugalla; era
posible, si, de non se ter producido un día un Kolossalische
Skandale21.
»Hai que dicir que o irmán de Váreñka, Kovalenko,
dende o primeiro momento colleulle moita xenreira a Bélikov e
seguiu a execralo.
»“Non chego a entender”, adoitaba dicirnos, encollendo
os ombreiros, “non chego a entender como poden vostedes aturar
a este acusón, esta pinta noxenta de laretas. Pregunto eu, señores,
¿como poden vostedes vivir aquí? É irrespirable
esta atmosfera, cheira a podremia. ¿Téñense por
pedagogos, profesores? Que non, señores, o que son é burócratas,
este instituto non lles é un templo da ciencia, senón
un niño de igrexeiros e santóns, aquí fede a agre,
coma nunha garita policial. Non, compañeiriños, vivirei
aquí outro chisco, marcho á miña herdade, e ¡ala!,
a pescar caranguexos e a dar clases ós cativiños aldeáns.
Marcho, e vostedes, pois, queden co seu Xudas, ¡que rebente, o
maldito22!”
»De cando en vez estoupaba a rir, ría e ría, coa
súa voz de baixo, ou, para variar, cunha voz moi aguda, coma
de chifre, e preguntábame abrindo os brazos: “Home, ¿que
fai este tipo sentado aquí na miña casa? ¿Que é
o que quere? Entra, senta e fixa a vista na miña persoa.”
Incluso lle puxo un alcume: “un rañicas ou unha araña,
o mesmo dá23”.
»E nós, claro, evitabamos comentar con el a intención
que tiña a súa irmá Váreñka de casar
cunha “araña, o mesmo dá”. E cando nunha ocasión
a lle insinuou señora do director que non estaría mal
que a súa irmá casase cun home tan serio e tan respectable
coma Bélikov, engurrou o cello e rosmou: “Non é
negocio meu. Que case con quen queira, mesmo que sexa cunha víbora.
Non lle son moi amigo de meterme na vida de outros.”
»E agora escoite o que pasou. Non sei que choqueiro debuxou unha
caricatura: camiña o noso Bélikov en chancas coas perneiras
do pantalón refucidas e debaixo dun paraugas; de brazo con el
vai Váreñka; e baixo do debuxo lese: “Anthropos
namorado”. A expresión estaba moi ben collida, ¿sabe?,
algo abraiante. É de supor que o artista pasase máis dunha
noite traballando porque todos recibimos cadansúa copia: os profesores
do instituto masculino e mailos do feminino, e os do seminario, e os
funcionarios públicos, todos. Tamén Bélikov recibiu
a súa. A caricatura deprimiuno moito, moitísimo.
»Aquel día saímos da casa xuntos. Era, precisamente,
o primeiro de maio, un domingo, e todos, profesores e alumnos, acordamos
xuntarnos diante do instituto para irmos ás aforas da nosa cidade,
a unha fraga; pois ben, saímos e andaba Bélikov máis
tebroso ca unha nube de tormenta e tan lívido que daba en verde.
»“¡Que cativa é algunha xente, que ruín!”,
dixo, e treméronlle os beizos.
»Mesmo cheguei a sentir mágoa del. Seguimos a andar cando,
de súpeto, imaxínese, aparece o Kovalenko montado en bicicleta,
e tras del Váreñka, tamén en bicicleta, vermella,
abafada, mais leda a feliz.
»“¡Nós imos diante!”, berra ó
vernos. “¡Que bo tempo vai. Tan bo, tan bo que mete medo!”
»E desapareceron ámbolos dous. O meu Bélikov pasou
da lividez verdella á lividez abrancazada; quedou petrificado.
Parou e olloume de forma rara.
»“Pero, perdóeseme ¿que é iso?”,
preguntou. “¿Ou son os meus ollos que me enganan? ¿Acaso
admite o decoro que os profesores de instituto e as mulleres anden en
bicicleta?”
»“¿En que será contrario ó decoro?”,
preguntei. “¡Que anden en bicicleta, e bo proveito!
»“Pero ¿como?”, berrou, aloulado pola miña
serenidade. “¿Pero que está a dicir?”
»Ficou tan pampo que non quixo continuar, e retornou á
casa.
»Para o día seguinte vino eu refrega-las mans sen parar;
tremía e notábaselle na cara que non se atopaba ben. E
cancelou as clases, cousa que fixo por primeira vez na súa vida.
E non comeu. Á tardiña abrigouse ben abrigado, malia a
calor case estival que ía na rúa, e dirixiuse, arrastrando
os pés, á casa dos Kovalenko. Váreñka non
estaba; non atopou máis que a Kovalenko.
»“Sente, prégollo”, invitouno Kovalenko con
frialdade, engurrando o cello; tiña un aspecto somnolento, acababa
de botar unha soneca e estaba de pésimo talante.
»Bélikov mantívose uns dez minutos en silencio.
Despois comezou:
»“Vin á súa casa para desafogar unha pena
que teño. É unha pena que me oprime, que me oprime moito.
Non sei que libelista fixo un debuxo que me ridiculiza a min e tamén
a outra persoa moi entrañable para vostede e para min. Considero
que é o meu deber asegurarlle a vostede que non teño nada
que ver con todo iso… Nunca dei motivos para unha mofa coma esa;
polo contrario, sempre me comportei coma un home de honestidade impecable.”
»Kovalenko, sentado en fronte del cunha cara de poucos amigos,
permanecía calado. Bélikov esperou un intre, despois proseguiu
en voz baixa e triste:
“»E teño que dicirlle unha cousiña máis.
Xa levo moito tempo de profesor, mentres vostede acaba de empezar, e
véxome obrigado, como un compañeiro de máis idade,
a previlo a vostede. Vostede adoita pasear en bicicleta e isto élle
un entretemento absolutamente indecoroso para un educador da xente nova.”
»“¿E por que?”, preguntou Kovalenko coa súa
voz de baixo.
»“¿Pero é que hai algo que aclarar, Mikhaíl
Sávvich? ¿Acaso non o dá entendido? Se un profesor
anda en bicicleta ¿que é o que lles queda por facer ós
alumnos? Só lles queda andar de cabeza para abaixo. ¡Onte
quedei arrepiado! Ó ve-la súa irmá nubróuseme
a vista. Unha señora ou unha señorita en bicicleta, ¡é
arrepiante!”
»“Finalmente, ¿que é o que quere?”
»“Só quero unha cousiña: previlo a vostede,
Mikhail Sávvich. É vostede moi novo, ten todo o futuro
por diante e ten que comportarse con moito coidado, moitísimo.
E vostede falla tanto ¡ah, canto falla! Anda vostede polas rúas
cunha camisa bordada e sempre con libros, non lle sei que libros son;
e agora, ademais, en bicicleta. E a noticia de que vostede e maila súa
irmanciña andan en bicicleta acabará por chegar ós
oídos do director, despois ós do inspector… ¿Que
ten de bo todo iso?”
»“¡Que a miña irmá e mais eu andemos
en bicicleta non ha de importarlle a ninguén!”, dixo o
Kovalenko que tiña a cara colorada. “¡E quen se entremeta
nos meus asuntos particulares, sexa quen for, que vaia ó mesmísimo
demo!”
»Bélikov púxose de pé; tiña a cara
lívida.
“»Se me fala nese ton, non podo seguir aquí. E rógolle
que na miña presencia nunca trate ós superiores deste
xeito. Debe respectar ás autoridades.”
»“¿Acaso acabo de dicir algo impropio das autoridades?”,
preguntou Kovalenko ollando a Bélikov con xenreira. “Déixeme
en paz, por favor. Son un home honesto e non me apetece falar cun señor
coma vostede. Non me agradan os acusóns.”
»Bélikov, nervioso, desacougado, puxo á présa
o abrigo cunha expresión de horror no rostro. Era a primeira
vez na vida que oía semellantes brutalidades.
»“Pode vostede dici-lo que lle praza”, dixo, saíndo
da entrada ó relanzo da escaleira. “Só teño
que previlo dunha cousa: poida que alguén nos oíse e,
para que a nosa conversa non se interprete mal (e non vaia ser que pase
algo) o meu deber obrígame a informar ó señor director
do seu contido… nos trazos xerais. Véxome obrigado a facelo.”
»“¿Informar? ¡Logo, vaite e informa!”
»Kovalenko agarrouno polo colo da camisa e deulle un empurrón,
de modo que Bélikov botou a rodar escaleiras abaixo entre o estrépito
das súas chancas. Malia se-la escaleira alta e pina, chegou felizmente
abaixo, levantouse e apalpou o seu nariz para comprobar se tiña
enteiros os anteollos. Mais, xusto no intre en que estivo a rodar pola
escaleira, entraron na casa Váreñka e dúas señoras
máis; alí estaban as tres ollando, e para Bélikov
foi o máis horroroso. Mais valía creba-la caluga ou ámbalas
pernas antes de facer rir á xente coma un pallaso: agora a noticia
vai percorrer toda a cidade, chegará ós oídos do
director, ós do inspector, e (¡oh, non vaia ser que pase
algo!) debuxarán unha caricatura máis, e a historia acabará
por un mandato de dimitir…
»Cando se ergueu, Váreñka decatouse de quen era
e, ó ve-la súa cara cómica, o seu abrigo engurrado,
as súas chancas, sen entender que pasara e crendo que caera sen
querer, non puido conterse e rompeu a rir, soltando gargalladas que
repercutiron por toda a casa: “¡Ha, ha, ha!”
»Pois ben, con esta risada sonora e leda acabouse todo: o proxecto
matrimonial e a existencia terreal de Bélikov. Xa non oía
o que dicía Váreñka nin vía ren.
»Ó volver á súa casa, o primeiro que fixo
foi retirar do seu escritorio a fotografía de Váreñka,
despois deitouse na cama e xa non se levantou máis.
»Pasados tres ou catro días, veume ver Afanasi para preguntar
se debía chamar ó médico, pois ó seu señorito
pasáballe unha cousa rara. Fun eu ver a Bélikov. Estaba
deitado detrás das cortinas, tapado cun cobertor, e calaba: pregúntaselle
algo e el só di “si” ou “non”, nin unha
sílaba máis. Segue deitado, e polo cuarto seu vai e ven
Afanasi, cunha pinta tebrosa, engurrado o cello, dando suspiros fondos;
e fede a vodka coma un pipote.
»Pasado un mes, Bélikov morreu. Todos fomos ó seu
enterro, os dos dous institutos e mailos do seminario. Dentro do cadaleito
tiña Bélikov unha cara manseliña, amena, case que
leda como se el se sentise feliz de ter entrado, en fin, nunha funda
da cal endexamais sairía. ¡Si, acababa de consegui-lo seu
ideal!
»E como unha especie de homenaxe, o día do enterro era
anubrado, chuvioso, e todos levabamos chancas e paraugas. Tamén
Váreñka foi ó enterro e chorou un pouquiño
ó ver baixa-lo cadaleito á cova. Unha observación
miña: as ucraínas quer choran, quer rin ás gargalladas,
non teñen termo medio.
»Teño que confesarlle: o enterro dun individuo coma Bélikov,
o que causa, é unha especie de exultación. Ó volver
do cemiterio tiñamos todos as caras hipocritamente tristeiras,
a ninguén lle daba a gana de manifestar esta exultación
semellante á que experimentaramos de nenos, hai moitos anos,
cando os maiores marchaban de casa e nós, os parviños,
percorriámo-lo xardín horas e máis horas, deleitándonos
cunha liberdade absoluta ¡Ah, liberdade, liberdade! Mesmo unha
ilusión, unha fráxil esperanza de que poida existir dálle
ás á alma, ¿non si?
»Volvemos do cemiterio con bo humor. Pero pasou a penas unha semaniña,
e a vida regresou ó seu leito de sempre, era a mesma vida dura,
extenuante, desatinada; non prohibida por unha circular mais tampouco
permitida; non mellorou. Enterramos a Bélikov, iso si, mais ¡cantos
homes enfundados quedan aínda, cantos virán!
—Aí está a cousa, aí está –corroborou
Iván Iványch, e tirou polo aire na pipa.
—¡Cantos virán! –repetiu Burkin.
O profesor saíu do alpendre. Era un home baixiño, groso,
coa cabeza completamente glabra, cunha barba negra que case lle chegaba
ó van; tras del saíron dous cans.
—¡Que lúa, eh, que lúa! –dixo, ollando
para o ceo.
Xa era media noite. Á dereita víase toda a aldea, a rúa
única estendíase moi longa, dunhas cinco vierstas24.
Atopábase todo sumido nun sono silencioso e fondo; nin un movemento,
nin un son, parece incrible que na natureza poida haber tanto silencio.
Cando, nunha noite de luar, se ve unha ampla rúa aldeá
coas súas isbas, as súas medas e os seus salgueiros durmidos,
o mesmo silencio cheo de paz instálase nunha alma humana; e nesta
paz, dentro das tebras nocturnas que a protexen contra os traballos,
os desvelos e a dor, vólvese mansa a noite, e melancólica,
e bela; parece que as estrelas ollan para ela agarimosas e conmovidas;
parece que o mal xa non existe na terra e todo vai ben. Á esquerda,
onda as últimas casas da aldea, empezaba o campo que se vía
lonxe, ata o mesmo confín; e neste campo alumeado polo luar tampouco
se percibía nin un movemento, nin un son.
—Aí, aí está a cousa, –repetiu Iván
Iványch–. E o feito de vivirmos na cidade, afogados, apreixados,
o de escribirmos papeis inútiles, de xogarmos ás cartas,
¿acaso non é enfundármonos? E o de pasarmos toda
a vida entre nugalláns, avogados das silveiras, mulleres estultas
e desocupadas, o de dicirmos e escoitarmos todo tipo de babecadas, ¿acaso
todo isto non é enfundármonos? Ben, se vostede desexa,
vou contarlle unha historia que vale de revelador aviso.
—Non, xa é hora de durmirmos –dixo Burkin–.
Deica mañá.
Entraron ámbolos dous no alpendre e deitaron no feo. Xa estaban
a medio adormecer cando, de socato, se deixaron oír uns pasiños
lixeiros: top, top…
Alguén ía e viña non lonxe do alpendre: daba uns
pasos e paraba; e, ó cabo duns minutos, volvía camiñar:
top, top. Os cans rosmaron.
—É Mavra, a señora do alcalde, anda a pasear –dixo
Burkin.
Deixaron de oírse os pasos.
—Ves e oes que mente a xente –dixo Iván Iványch,
póndose sobre o outro costado–, e despois a mesma xente
hate chamar imbécil por teres aceptado tantas mentiras; aturas
aldraxes e humillacións e non ousas declarar ás claras
que estás de parte dos homes honrados e libres; teste que mentir
a ti mesmo, e aínda cun sorrisiño; e todo por un cacho
de pan e un curruncho onde durmir, por un cargo ou postiño calquera;
¡non, así non se pode vivir!
—Ben, iso é xa outro cantar, Iván Iványch
–dixo o profesor de instituto.
E ó cabo duns dez minutos quedou durmido. Mais Iván Iványch
seguía suspirando e deitando riba dun costado riba do outro;
finalmente, levantouse, outra vez saíu fóra e, sentado
xunta a porta, acendeu a súa querida pipa.
- Segundo un antigo costume ruso, os esquíos capturados
vivían nas gaiolas, que tiñan dentro unha roda
que o animaliño facía dar voltas brincando dentro;
é unha comparación usual para caracterizar un
traballo frenético, esgotador e inútil.
- Cantonista, na Rusia da primeira metade do séc. XIX,
é fillo do soldado adscrito desde que nace ó servicio
militar e que estudia nunha escola primaria militar especial.
- En Rusia, coas tiras de casca de certas árbores fabrícase
o calzado tradicional campesiño (lapti) e outros
obxetos artesanais.
- Desiatina é unha medida de superficie rusa
antiga que equivale a 1,09 hectáreas.
- Segundo unha tradición rusa, nas árbores de
xardín colócanse cativas casiñas de madeira
para dar abeiro ós estorniños.
- É unha cita inexacta: no poema de Puxkin “Heroi”
(1830), onde se trata de Napoleón I un personaxe do poema
di: “Eu aprecio unha mentira que nos enaltece máis
que mil verdades”
- “Iván” é o nome propio do personaxe
(Xoán), “Iványch” é o patronímico,
formado a partir do nome propio do pai do personaxe (tamén
Iván). En canto ó compañeiro de Iván
Iványch, Chekhov preséntao ó lector só
co apelido “Burkin”, sen menciona-lo seu nome propio.
- En grego antigo: home
- Iván Turguiénev (1818-1883) e Mikhaíl
Saltykov-Xchedrín (1826-1889) son grandes escritores
rusos do século XX.
- Buckle Henry Tomas (1821-1862) é un historiador e sociólogo
inglés; moi lido na Rusia decimonónica
- Savvich: é o patrónimico que vén do nome
do pai (Savva).
- No texto orixinal, o narrador chámalle a este personaxe
“jojol”, alcume un algo despectivo que
se daba ós ucraínos, jojo” quere
dicir flocos, aludindo ó peiteado masculino
tradicional: flocos que, dun lado, caen sobre a fronte debaixo
da gorra.
- É o diminutivo agarimoso derivado de Varvara (Bárbara).
- Un romance ucraíno popular.
- O nome oficial de Ucraína ná Rusia dos zares.
- O Narrador subliña que Kovalenko viste a camisa tan
tipicamente ucraína como o é tamén o seu
peiteado
- É un diminutivo agarimoso de “Mikhaíl”
- Outro diminutivo agarimoso do mesmo nome
- Na Rusia dos tsares era o grao de funcionarios civís
que equivalía ó de xenerais do exército.
- Bélikov emprega a forma oficial e solemne de trata-la,
á Váreñka: o nome propio e mailo patrónimico
(nome do pai nunha forma feminina). Véxase a nota das
p.p. ..¿?..
- Un enorme escándalo (en alemán, incorrecto no
orixinal).
- No texto orixinal, en ucraíno.
- No texto orixinal, en ucraíno; é o título
dun drama do escritor ucraíno M. Kropivnitski, escrito
en 1882 (o conto de Chekhov está escrito, en 1898).
- Viersta, medida de lonxitude empregada antigamente
en Rusia; equivale a algo máis de un quilómentro.
|
| |
|