Voltar

Willian Butler Yeats

Contos (de Celtic Twilight)

Tradución de Paulo Martínez Lema
Revisado por Ana Isabel Boullón Agrelo

 

O Demo


A miña vella de Mayo díxome un día que algo moi malo baixara pola estrada e se metera na casa de enfronte, e aínda que non me dixo o que era, eu ben o souben. Outro día contoume de dúas amigas súas ás que lles fixo as beiras un que crían que era o Demo. Unha delas atopábase na beira do camiño cando el se achegou dacabalo e a convidou a montar e dar unha volta. Ela negouse, e el desapareceu ao instante. A outra estaba agardando polo seu rapaz, xa de noite pecha, na estrada, cando algo que baixaba por esta rolando e abaneándose veu darlle nos pés. Parecía un xornal, e decatouse polo seu tamaño de que era o Irish Times. De súpeto converteuse nun mozo, que a invitou a dar un paseo canda el. Ela negouse, e el desapareceu.

Coñezo tamén un vello, nas ladeiras do Ben Bulben, que atopou o Demo debaixo da súa cama tocando unha campá, e el saíu, roubou a campá da capela e escorrentouno de alí a base de badaladas.

Unha voz


Estaba eu un día camiñando sobre un terreo lamacento preto do bosque de Inchy cando sentín, de súpeto e só durante un segundo, unha emoción que, díxenme para min, era a raíz do misticismo cristián. Percorrérame unha sensación de debilidade, de dependencia dun grande Ser persoal situado nalgún lugar afastado e, non obstante, próximo, ao alcance da man. Ningún dos meus pensamentos me dispuxera a esta emoción, pois estivera abstraído con Aengus e Edain, e Manannan, Fillo do Mar. Esa noite espertei boca arriba, oíndo unha voz que falaba sobor de min e dicía: "Ningunha alma humana é igual a outra, e xa que logo o amor de Deus por cada alma humana é infinito, posto que ningunha outra pode satisfacer a mesma necesidade en Deus". Unhas cantas noites despois, espertei para ver as persoas máis encantadoras que endexamais vin. Un mozo e unha moza vestidos con roupas verde oliva, cortadas ao xeito das antigas roupas gregas, encontrábanse de pé ao carón do meu leito. Mirei para a rapaza e advertín que tiña o vestido recollido ao redor do pescozo, nunha sorte de cadea, ou quizabes nunha sorte de bordado moi teso que figuraba follas de hedra. Mais o que me deixou marabillado foi a milagrosa dozura do seu rostro. Non hai rostros así hoxe en día. Era fermoso como poucos rostros o son, mais un pensaría que non tiña a luz que hai no desexo ou na esperanza ou no temor ou na especulación. Era plácido coma os rostros dos animais, coma as charcas de montaña ao atardecer, tan plácido que resultaba un pouco triste. Pensei por un intre que podería tratarse da amada de Aengus, mais ¿como podería ter aquela raptada, sedutora, feliz e inmortal malpocada un rostro coma este?


Raptores


Un pouco ao norte da vila de Sligo, na ladeira sur do Ben Bulben, uns cantos centos de pés por riba da planicie, hai un cadradiño branco nunha pedra calcaria. Ningún mortal a tocou xamais coa súa man; nin ovella nin cabra paceu nunca ao seu carón. Non hai na terra un lugar menos accesíbel, e, para un carácter inquedo, poucos hai máis envoltos no terror. É a porta do País das Fadas. Á medianoite xira e ábrese, e a tropa fantasmagórica precipítase ao exterior. Durante toda a noite, a alegre caterva corre a rexión dun lado para outro, invisíbel para todos a non ser tal vez nalgún lugar máis "xentil" do habitual -Drumcliff ou Dromahair-, onde é posíbel que as cabezas dos "médicos de trasgos" ou "médicos de vacas", cubertas cos seus puchos de durmir, espreiten dende as portas para ver que falcatruada andan a facer "os xentís". Sen dúbida que para os seus ollos e orellas, ben adestrados, os campos están cubertos de xinetes de monteiras vermellas, e o aire cheo de voces estridentes (un son semellante a un asubío, como declarou un antigo vidente escocés, e por completo diferente da linguaxe dos anxos, "que falan máis pola gorxa, tal que os irlandeses", como dixo sabiamente Lilly, o astrólogo). Se houber na veciñanza unha noiva acabada de casar ou un meniño acabado de nacer, os "médicos" esculcarán con máis coidado do habitual, pois a tropa fantasmagórica non sempre volve coas mans baleiras. Ás veces, unha noiva ou un meniño destes vaise con eles para as súas montañas; a porta péchase, e o meniño ou a noiva móvense de agora en diante no incruento País das Fadas; feliz, segundo a historia, mais condenado a diluírse tal que vapor claro o día do Xuízo Final, porque a alma non pode vivir sen sufrimento. A través desta porta de pedra branca, e das outras portas desta terra onde geabheadh tu an sonas aer pingin (podes mercar a ledicia por un só penique) marcharon aqueles reis, raíñas e príncipes que aparecen na nosa vella literatura gaélica.

Alí, na esquina oeste da Rúa do Mercado, onde está agora a carnicería, apareceu inesperadamente (igual có palacio de Lamia, a obra de Keats) unha botica rexida por un tipo estraño, un tal Dr. Opendon. De ónde é que viñera, ninguén o sabía. Había tamén en Sligo por aquel tempo unha muller apelidada Ormsby. O seu marido caera misteriosamente enfermo. Os médicos non daban feito nada por el. Parecía san, pero a cada momento que pasaba púñase máis e máis feble. A muller acudiu ao Dr. Opendon. Fixérona pasar á rebotica. Había un gato mouro sentado perante o lume, todo dereito. Antes de que o Dr. Opendon chegase, só tivo tempo de reparar en que o aparador estaba cheo de froita. "Moi boa debe ser a froita", dixo para si, "cando o doutor ten tanta". El vestía todo de negro, coma o gato, e outro tanto a súa dona, que camiñaba detrás del. A señora Ormsby deulle unha guinea, e obtivo en cambio unha botelliña. Desta vez o marido repúxose. Ao mesmo tempo, o doutor de negro curaba moita máis xente; mais un día morreulle un paciente rico, e gato, muller e doutor desapareceron á noite seguinte. Nun ano, o señor Ormsby aínda enfermou unha vez máis. Agora tiña bo aspecto, e a súa muller estaba convencida de que os "xentís" andaban a roldalo. Foi e chamou o "médico de trasgos" de Cairnsfoot. Nada máis escoitar o relato da muller, este púxose do outro lado da porta traseira e comezou a murmurar sortilexios. Tamén desta volta se puxo ben o marido, mais de alí a un pouco enfermou outra vez, a fatídica terceira vez, e de novo acudiu a muller a Cairnsfoot. O médico colocouse detrás da porta e púxose a murmurar, mais pouco tardou en volver e dicirlle que non valía a pena: o seu home morrería; e efectivamente morreu. Tempo despois, cando a señora Ormsby se refería a el, movía a cabeza dicindo que ben sabía onde estaba, e que non era nin no Ceo nin no Inferno nin no Purgatorio. Probabelmente cría que deixaran no lugar do seu marido un toro de madeira, mais enfeitizado de tal xeito que parecía o seu corpo.

Ela xa morreu, pero moitos ue aínda viven lémbrana. Seica foi durante un tempo criada, ou en todo caso unha sorte de asistenta, duns meus parentes.

Ás veces permíteselles aos raptados que vexan por derradeira vez os seus amigos, unha vez pasados varios anos (sete, polo xeral). Unha muller desapareceu hai moito tempo nun xardín de Sligo onde estaba a dar un paseo co seu home. Cando o seu fillo, que daquela era tan só un meniño, se fixo maior, tivo dalgún xeito novas (que non lle foron transmitidas) de que súa nai se atopaba encantada polos trasgos, presa nunha casa de Glasgow, e que desexaba velo. Naqueles tempos dos veleiros, Glasgow era na mentalidade campesiña pouco menos que o cabo do mundo coñecido, mais el, portándose coma un bo fillo, púxose en camiño. Durante moito tempo percorreu as rúas de Glasgow, ata que ao final atopou a súa nai, traballando no fondo dun soto. Era feliz, segundo lle dixo, e tiña comida da máis saborosa. Preguntoulle se quería tomar algo, e nestas dispuxo sobre unha mesa toda sorte de viandas; mais el, sabedor de que o que estaba tentando era lanzarlle un feitizo dándolle comida encantada, para así facelo ficar onda ela, rexeitounas e volveu para a casa, canda a súa xente de Sligo.

Unhas cinco millas ao sur de Sligo hai unha lúgubre lagoa rodeada de árbores por todas partes, un grande punto de encontro de aves acuáticas, chamada, por mor da súa forma, o lago Corazón. Deste lago, como do cadrado da pedra branca do Ben Bulben, sae unha tropa fantasmagórica. Unha vez uns homes puxéronse a desecala; de súpeto, un deles berrou que estaba vendo a súa casa en chamas. Os outros viráronse, e cada un puido ver a súa propia casa ardendo. Volveron a elas á carreira para atopar que todo fora un meigallo dos trasgos. Aínda hoxe se ve na beira do lago un foxo a medio escavar: o selo da súa impiedade. Un pouco máis alá desta lagoa oín unha fermosa e triste historia sobre raptos deste tipo. Foi a unha velliña de pucho branco, que canta en gaélico e se abanea dun pé para o outro, tal que se lembrase os bailes da súa mocidade.

Un mozo dirixíase á noitiña á casa da súa noiva, coa que acababa de casar. Polo camiño atopou unha leda comitiva, e con eles a súa noiva. Eran trasgos, e raptárana para ser a muller do xefe da súa banda. A el parecéronlle tan só un grupo de alegres mortais. A noiva, en canto viu o seu antigo amor, deulle a benvida, mais temía que tomase da comida encantada e ficase así arrincado da terra e enmeigado naquela incruenta e sombría nación, polo que o sentou a xogar á baralla con tres dos da comitiva; e el xogou e seguiu xogando, sen decatarse de nada ata que viu que o xefe do grupo levaba canda el a súa noiva en brazos. Púxose en pé dun brinco, e caeu na conta de que eran trasgos, porque toda a leda compaña se desfixo na sombra e na noite. Correu á súa casa, e cando estaba a chegar escoitou os lamentos das choquéns. Soubo que a súa muller estaba morta. Algún mediocre poeta gaélico convertera este caso nunha balada xa esquencida. A miña amiga do pucho branco lembrou e cantou para min algúns versos soltos da mesma1 .

Ás veces un oe falar de persoas que despois de seren raptadas actúan como xenios protectores para os vivos, tal que nesta historia sobre John Kirwan, de Castle Hackett, oída tamén moi preto da lagoa encantada. Rumoréase moito sobre os Kirwans2 nos contos dos paisanos, e crese que son os descendentes dun home e un espírito. Sempre tiveron sona pola súa beleza, e lin que a nai do actual Lord Conclurry era da súa caste.

John Kirwan era un grande afeccionado ás carreiras de cabalos, e nunha ocasión chegou a Liverpool cun fermoso animal para ir correr nalgún lugar do centro de Inglaterra. Esa mesma tarde, mentres paseaba polo peirao, achegóuselle un raparigo e preguntoulle ónde tiña o cabalo. Contestoulle que en tal e cal lugar, e o raparigo díxolle: "Non o deixes alí: esa corte vai arder esta mesma noite." John Kirwan levou o cabalo para outra parte, e efectivamente a corte ardeu. Ao día seguinte o rapaz veu onda el e pediulle a cambio que lle deixase ser o seu jockey na vindeira carreira, e logo foise. Chegou a hora da carreira. No último momento o raparigo adiantouse a toda présa e montou, dicindo: "Se eu o golpear coa fusta na man esquerda é que vou perder, mais se o fixer coa dereita, aposta todo canto teñas". Porque como dicía Paddy Flynn, que me contou esta historia, "o brazo esquerdo non serve para nada. Podo estar eu facendo o sinal da cruz e todo eso deica o Nadal, que a unha banshee3? non lle importará máis que a esta vasoira". Pois ben, o raparigo golpeou o cabalo coa man dereita, e John Kirwan deixou aos outros competidores sen un can. Cando a carreira rematou preguntoulle: "¿Que podo facer agora por ti?". "Unicamente esto", dixo o rapaz, "miña nai ten un casal nas túas terras; a min raptáronme do berce. Sé bo con ela, John Kirwan, e alá onde vaian os teus cabalos, eu coidarei que lles non ocorra ningún mal; pero ti endexamais volverás verme". E dito esto, desfíxose no aire e desapareceu.

Ás veces o que levan son animais, maiormente animais afogados, polo que parece. Paddy Flynn díxome que en Claremorris, Mayo, vivía unha pobre viúva cunha vaca e o seu xato. A vaca caeu ao río e levouna a corrente. Había por alí un home que acudiu onda unha muller rubia (porque se supón que son expertas nestes temas), e esta díxolle que levase o xato á beira do río, que se agochase e observase. Así o fixo. Ao caer a tarde o xato comezou a dar bruídos, e de alí a un pouco a vaca veu á orela e púxose a aleitalo. Despois, seguindo o consello da muller, agarrou a vaca polo rabo. Marcharon a paso lixeiro atravesando sebes e foxos, ata que chegaron a unha realeza -o nome que lles dá Paddy Flynn aos fortes encantados. Alí viu, ora camiñando ora sentadas, todas as persoas que finaran fóra do lugar en vida del. Unha muller sentada na beira cun neno nos xeonllos berroulle que fixese caso das palabras da muller rubia, lembrándolle que lle dixera: "Sangra a vaca". Así, cravoulle o coitelo á vaca e sacoulle sangue. Con aquelo desfixo o meigallo e puido levala de volta á casa. "Non esquenzas a torga", falou a muller do neno. "Colle a que está dentro". Había tres torgas nun arbusto; colleu unha delas e levoulle a vaca á viúva sen perigo ningún.

Non hai practicamente ningún val ou aba de montaña onde non poidan falarche de alguén que foi raptado. A dúas ou tres millas do lago Corazón vive unha vella á que levaron sendo moza. Sete anos despois, fose polo que fose, foi devolta á súa casa, mais sen os dedos dos pés. Perdéraos de tanto bailar.



Terra, lume e auga


Algún escritor francés ao que lin sendo eu mozo dicía que o deserto entrara no corazón dos xudeus e fixera deles o que son. Non podo lembrar mediante qué razoamento demostraba que eran, aínda hoxe, os indestrutíbeis fillos da terra, mais ben pode ser que os elementos teñan fillos de seu. Se coñecesemos mellor aos Adoradores do Lume, tal vez descubrisemos que os seus séculos de piadosa observación foron recompensados, e que o lume lles concedeu un pouco da súa natureza. E estou seguro de que a auga, a auga dos mares e dos lagos, e da néboa e a chuvia, fixo aos irlandeses case que á súa imaxe. As imaxes fórmanse continuamente nas nosas mentes tal que se se reflectisen nunha charca. Na antigüidade entregámonos á mitoloxía e vimos os deuses por todas partes. Falámoslles cara a cara, e as historias acerca desa comuñón son tantas que creo que sobrepasan en número a todas as historias análogas de todo o resto de Europa. Mesmo hoxe en día os nosos campesiños falan cos mortos e con algúns que quizabes nunca morreron, tal e como nós entendemos a morte; e ata a nosa xente culta pasa sen grande dificultade ao estado de quietude, que é o estado apropiado de cara á visión. Podemos facer as nosas mentes tan semellantes á auga calma que os seres axúntanse ao noso redor, tal vez para poderen ver as súas propias imaxes, e deste xeito, gracias á nosa quietude, viven durante uns intres cunha vida máis clara, incluso quizabes máis apaixonada. ¿Non opinaba o sabio Porfirio que todas as almas veñen a nacer por causa da auga, e que "mesmo a xeneración de imaxes na mente ten lugar a partir da auga"?



Os tres O'Byrne e os trasgos malignos

 

No reino borroso hai unha grande abundancia de todo o excelente. Hai alí máis amor que na terra, e tamén máis baile e máis tesouros. A terra quizais foi feita ao comezo para satisfacer o desexo do home, mais agora envelleceu e entrou en decadencia. ¿Que ten de estraño que apetezamos e furtemos os tesouros desoutro reino?.

Un amigo estivo unha vez nunha aldea próxima a Slieve League. Un día andaba a deambular polos arredores dun castro chamado 'Cashel Nore'. Un home de rostro macilento e cabelo desarranxado, coas roupas caéndolle a anacos, entrou no castro e comezou a cavar. O meu amigo virouse cara a un paisano que estaba a traballar alí preto e preguntoulle quén era o home. "Ese é o terceiro O'Byrne", foi a resposta. Uns días despois soubo esta historia: un cuantioso tesouro fora soterrado no castro en época pagá, e varios trasgos malignos foran dispostos para custodialo; mais algún día ía ser topado e pertencería á familia dos O'Byrne. Antes dese día, tres O'Byrnes debían topalo e morrer. Dous xa o fixeran. O primeiro cavara e cavara ata enxergar por fin a caixa de pedra que o contiña, mais de contado algo semellante a un enorme can peludo baixou pola montaña e esnaquizouno. Á mañá seguinte o tesouro desaparecera de novo nas profundidades da terra. Veu o segundo O'Byrne e cavou e cavou ata topar a caixa, e ergueu a tampa e viu o ouro relucindo no interior. Pouco despois tivo algunha horríbel visión, toleou de vez e non tardou en morrer. O tesouro desapareceu de novo da vista. O terceiro O'Byrne está a cavar arestora. Cre que morrerá dalgún xeito terríbel en canto tope o tesouro, mais que o feitizo será roto e a familia O'Byrne enriquecida para sempre, como o eran antano.

Un paisano da veciñanza viu nunha ocasión o tesouro. Deu coa tibia dunha lebre tirada sobre a herba. Colleuna; había nela un buraco; mirou polo buraco, e viu o ouro amoreado baixo o chan. Correu á casa para traer unha pá, mais cando chegou de novo ao castro non puido topar o lugar en que o vira.

Reprimenda aos escoceses por amargaren o carácter das súas pantasmas e trasgos

 

Non soamente en Irlanda segue viva a crenza nos trasgos. Aínda o outro día oín falar dun granxeiro escocés que cría que o lago de diante da súa casa estaba encantado por un cabalo acuático. Asustado, rastrexou o lago con redes e logo tentou desecalo cunha bomba. Mal asunto para o cabalo se chegase a dar con el. Un paisano irlandés xa hai tempo que se adaptaría dalgún xeito á criatura. Porque en Irlanda hai algo de receoso afecto entre os homes e os espíritos. Maltrátanse só ata certo punto; cada un admite que o outro ten sentimentos. Hai límites que ningún deles sobrepasaría. De capturar un trasgo, ningún paisano irlandés o trataría como fixo aquel home do que fala Campbell. Capturou unha egua acuática e atouna aos cuartos traseiros do seu cabalo. A criatura era fera, mais el amansouna cravándolle unha subela de zapateiro e unha agulla. Chegaron a un río, e ela, temerosa de atravesar a auga, comezou a axitarse con forza. Outra vez lle cravou a subela e maila agulla. Ela exclamou: "Fúrame coa subela, pero tírame esta canalla (a agulla) fina coma un cabelo". Cando chegaron a unha pousada, o home iluminouna co candil; a criatura derrubouse ao instante "coma unha estrela fugaz", e converteuse nun bloque de xelatina. Estaba morta. Nin tampouco o trataría como se conta nun vello poema das Terras Altas. Un trasgo amaba unha meniña que adoitaba cortar turba na aba dun outeiro encantado. Todos os días asomaba dende o interior do outeiro a man do trasgo, e nela un coitelo encantado. A meniña acostumaba cortar a turba con el, o que non lle levaba moito tempo, estando como estaba enmeigado. Os seus irmáns, estrañados por este motivo, acordaron espiala para descubrir quén era o que a axudaba. Viron a manciña xurdindo da terra, e a meniña collendo o coitelo. Unha vez cortada toda a turba, vírona dar tres golpes no chan co mango. A man volveu aparecer, e os irmáns, arrebatándolle o coitelo á nena, rebandárona dunha tallada. Endexamais volveu verse o trasgo. Devolveu á terra o seu brazo ensanguentado, crendo, tal e como se lembra, que perdera a súa man pola traizón da nena.

En Escocia sodes demasiado teolóxicos, demasiado lúgubres. Mesmo o Demo fixéstelo relixioso. "¿Onde vive vostede, boa muller, e como está o pastor?", díxolle á bruxa cando a atopou na estrada, como se revelou no xuízo. Queimastes tódalas bruxas. En Irlanda deixámolas en paz. Claro, a "minoría leal" arrincoulle a unha un ollo co talo dunha verza o 31 de marzo de 1711, na vila de Carrickfergus. Mais o caso é que a "minoría leal" é medio escocesa. Descubristes que os trasgos son pagáns, malvados. Gustaríavos levalos a todos perante o xuíz. En Irlanda os belicosos mortais mesturáronse con eles, axudáronos nas súas batallas, e eles á súa vez ensináronlles aos homes o seu grande coñecemento das herbas e permitíronlles escoitar as súas melodías. Carolan pasou a noite nun forte encantado. Dende entón roldáronlle a cabeza os seus aires, o que fixo del o grande músico que foi. En Escocia censurástelos dende o púlpito. En Irlanda permitíuselles consultar cos sacerdotes sobre o estado da súa alma. Por desgracia, os sacerdotes concluíron que carecen dela, polo que se esvaecerán coma vapor transparente chegado o final dos tempos. Mais concluírono antes con tristeza que con anoxo. Á relixión católica gústalle estar a ben cos seus veciños.

Estes dous xeitos de ver as cousas influíron directamente en cada país no mundo enteiro dos seus espíritos e trasgos. Para os seus feitos alegres e graciosos, ide a Irlanda; para os terroríficos, a Escocia. Os sustos que nos dan os nosos trasgos irlandeses teñen un algo de trola. Cando un paisano se perde e vai dar a unha choupana encantada, e lle fan pasar a noite dándolle voltas a un cadáver nun espeto, non nos inquedamos; sabemos que espertará no medio dun campo verde, co seu abrigo vello cuberto de orballada. En Escocia é completamente diferente. Vós amargastes o ánimo, excelente de seu, das pantasmas e os trasgos. O gaiteiro M'Crimmon, das Hébridas, botou a súa gaita ao lombo e, seguido do seu can, adentrouse nunha furna mariña tocando con todas as súas forzas. Durante un bo anaco a xente puido escoitar a gaita. Debía ter andada preto de unha milla cando oíron un ruído de loita. A música cesou de vez. Transcorrido algún tempo saíu da cova o can, completamente esfolado e demasiado feble mesmo para ouvear. Nada máis voleu saír de alí. Despois está a historia do home que se mergullou nun lago no que se cría que había un tesouro. Viu un grande cofre de ferro, e a carón del un monstro que lle aconsellou volver por onde viñera. Subiu á superficie, mais os espectadores, en canto lle oíron que vira o tesouro, convencérono para mergullarse outra vez. Así o fixo. Pouco tardaron en emerxer o seu corazón e seu fígado, tinxindo as augas de vermello. Ninguén viu xamais o resto do corpo.

Estas criaturas acuáticas son correntes no folclore escocés. Tamén nós as temos, mais non as tomamos tan en serio. Un pozo do río Sligo está habitado por un destes monstros. Hai moitos que cren ardentemente nel, se ben iso non lles impide aos paisanos bromear co asunto e rodealo dunha deliberada fantasía. Cando eu era rapaz estiven un día pescando lampreas no pozo do monstro. De volta para a casa, cunha enorme anguía ao lombo (axitaba a cabeza pola parte de diante, e por detrás ía arrastrando a cola polo chan) atopei un pescador, coñecido meu. Púxenme a contarlle unha historia sobre unha anguía xigantesca, tres veces meirande cá que traía, que me rompera a liña e conseguira fuxir. "Era el", dixo o pescador. "¿Nunca che contaron cómo fixo emigrar a meu irmán? Meu irmán era mergullador, como sabes, e apañaba pedras para o Consello do Porto. Un día achégaselle a besta, e vai e dille: '¿Que andas buscando?' 'Pedras, señor', dille meu irmán. '¿Non che será mellor liscar?' 'Si, señor'. E por iso emigrou meu irmán".

1No meu Wind among the Reeds hai unha balada sobre este tema (1924).

2Dende entón escoitei que non eran os Kirwans, senón os seus predecesores no Castle Hackett, os propios Hackett segundo creo, os que descendían dun home e un espírito, e eran famosos pola súa beleza. Imaxino que a nai de Lord Conclurry descendía dos Hackett. Ben puido ser que, por causa destas historias, o nome de Kirwan pasase a ocupar o lugar do antigo nome (1902). Castle Hackett foi arrasado por incendiarios durante a nosa guerra civil (1924).

3Espírito feminino que aparece na mitoloxía irlandesa avisando ás familias co seu canto da próxima morte dalgún dos seus membros (N. do T.)