Voltar

Washington Irving

Contos da Alhambra

Versión galega de Paulo R. Ballesteros

 

I

O GOBERNADOR E O ESCRIBÁN

Nos vellos tempos mandaba alí, como gobernador da Alhambra, un cabaleiro ancián e coraxoso que, por ter perdido un brazo na guerra era coñecido polo regular co nome de El Gobernador Manco, o gobernador toco. Oufanábase, de certo, de ser un veterano, gastaba os bigotes crechos deica os ollos, botas de campaña e unha espada toledana longa coma un espeto co seu pano das mans na cazoleta do puño.

Era el, ademais, sobre maneira orgulloso, e mexeriqueiro e tenaz no cumprimento e defensa de tódolos seus privilexios e dignidades. Baixo o seu mando, as inmunidades da Alhambra como residencia e propiedade da coroa eran mantidas con rixidez. Ninguén tiña licencia para entrar na fortaleza con armas de fogo, ou mesmo con espada ou bastón, de non ser persoa dun certo rango; e calquera xinete estaba na obriga de desmontar na porta e leva-lo cabalo da rédea.

Agora, como o outeiro da Alhambra comeza a xurdir dende o mesmo centro da cidade de Granada; sendo, conforme era, unha saínte da capital, el debe de ser en todo tempo cousa enfadosa para o capitán xeneral que rexe na provincia ter así un imperium in imperio, un cativo posto independente no mesmo medio dos seus dominios. El viraba máis punxente o asunto, no presente caso, polo anoxado celo do vello gobernador, que botaba lume co menor conflicto de autoridade ou de xurisdicción, e pola traza inqueda e moinante da xente que, a modiño, fora aniñando dentro da fortaleza, coma nun acubillo privilexiado, e dende alí proseguía coas súas artes de pillería e depredación á conta dos habitantes honrados da vila.

Deste xeito, había unha perpetua querela e xenreira entre o capitán xeneral e o gobernador, máis virulenta por parte do último, dado que a máis pequena de dúas potestades é sempre a máis celosa da súa dignidade. O sobranceiro palacio do capitán xeneral érguese na Praza Nova, mesmo ó pé do outeiro da Alhambra; e sempre había alí balbordo e desfile de gardas, criados e funcionarios da cidade. Un baluarte saínte da fortaleza espreitaba o palacio e maila praza pública que tiña diante, e por ese baluarte íase peneirar ás veces dun cabo a outro o vello gobernador, coa súa espada toledana cinguida á cintura e os ollos fixos sobre o seu rival de embaixo, coma un falcón a aluca-la súa presa dende o niño nunha árbore seca.

Sempre que baixaba á cidade facíao con gran pompa, de a cabalo, rodeado polos seus gardas, ou no seu coche de gala, un vello e pesado armatoste español de madeira tallada e coiro dourado, arrastrado por oito mulas, con escoltas a pé, estribeiros e lacaios; en semellantes ocasións gabábase el de impresionar e abraiar a tódolos espectadores como vicerexente do rei, aínda que os chufóns de Granada, sobre todo os que lacazaneaban arredor do palacio do capitán xeneral, tiñan o vezo de se mofar da parada de xoguete e, aludindo á fasquía moinante dos seus vasalos, saudábano co apelativo de "O Rei dos Pedichóns".

Un dos mais fértiles motivos de liorta entre aqueles dous afoutados rivais era o dereito reclamado polo gobernador de ser libres de tributo, ó pasaren pola cidade, cantas cousas se destinasen ó uso propio ou da súa gornición. Pouco a pouco, este privilexio fixera aparecer un contrabando xeneralizado. Un niño de contrabandistas asentou a súa morada nas casopas da fortaleza e mais nas numerosas covas das súas veciñanzas, e realizaba pingües negocios en conivencia cos soldados de gornición.

A vixilancia do capitán xeneral medrou. Consultou co seu conselleiro legal e factótum, un escribán astuto e trapalleiro que reloucaba con cada ocasión de confundi-lo vello potentado da Alhambra e de o enredar nun labirinto de sutilezas legais. Aconselloulle ó capitán xeneral que insistise no dereito de investigar toda caravana que traspuxese as portas da cidade, e redactoulle unha longa carta vindicativa do dereito. O Gobernador Manco era un vello soldado franco e ó xeito antigo que aborrecía os escribáns máis que o demo, e a este en particular máis do que a tódolos outros escribáns.

—¡Cómo! –dixo, retorcendo con fereza nos seus bigotes–. ¿O capitán xeneral bota man do seu chupatintas para me encerellar en confusións? Heille eu facer ver que a un vello soldado non o van atrapallar mañas de leguleio.

Apañou a pluma e esborranchou unha carta breve con man airada, na que, sen dignarse entrar en argumentos, insistía no dereito de tránsito libre de investigación, e anunciaba vinganza contra calquera funcionario da alfándega que quixese pó-la súa man impía sobre calquera convoi defendido pola bandeira da Alhambra.

Mentres porfiaban nesta cuestión os dous pragmáticos potentados, aconteceu que unha mula cargada con vituallas para a fortaleza chegou un día á porta do Xenil, polo que tiña que atravesar un arrabalde da cidade no seu camiño para a Alhambra. Guiaba a caravana un cabo vello e rabuxento que servira moito tempo baixo as ordes do gobernador e era home obediente da súa propia vontade, tan valoroso e rexo coma un vello aceiro toledán.

Ó se achegaren á porta da vila, o cabo pousou o estandarte da Alhambra sobre da taleiga da mula e, cadrándose en perfecta perpendicular, avanzou coa cabeza ergueita e a vista cara a adiante, mais a axexar coma un can de palleiro que cruza por terreo hostil disposto a roñar e regaña-los dentes.

—¿Quen vai aí? –preguntou a sentinela na porta.

—Soldado da Alhambra –dixo o cabo, sen vira-la cabeza.

—¿El que levas ó teu cargo?

—Provisións para a gornición.

—Sigue adiante.

O cabo seguiu dereito para adiante, a caravana tras del; mais non avanzara moitos pasos cando un pelotón de alcabaleiros xurdiu dun pequeno fielato.

—¡Alto aí! –berrou o xefe–. Arrieiro, alto e abre eses fardos.

O cabo virou en redondo e dispúxose en orde de batalla.

—Respectade a bandeira da Alhambra –dixo–. ¡Estas cousas son para o gobernador!

—¡Un figo para o gobernador e maila súa bandeira! Arrieiro, dígoche alto.

—¡Para a caravana se queres, pero ó teu risco! – berrou o cabo, engatillando o mosquete–. Arrieiro, sigue adiante.

O arrieiro deu unha boa vareada á besta, o oficial dos alcabaleiros adiantouse dun brinco e apreixou o ramal; a seguir, o cabo apuntou a súa arma e disparou, deixándoo morto.

Ó dereito, a rúa foi un balbordo. Apreixaron o vello cabo, e logo de lle faceren sufrir couces e labazadas e fungueirazos a eito, que dá polo regular a xentalla de España espontaneamente como adianto dos castigos posteriores da lei, foi cargado de grillóns e levado ó cárcere da cidade; mentres que os seus compañeiros tiveron licencia para seguir adiante co convoi, logo de el ter sido ben investigado, para a Alhambra.

O vello gobernador rabiou de carraxe ó que soubo do insulto á súa bandeira e mais do apresamento do cabo. Por un anaco rabiou de aquí para alá polos salóns mouriscos e baduou entre os baluartes; e botaba olladas de lume e aceiro cara ó palacio do capitán xeneral. En tendo desabafado o primeiro cachón da súa rabia, despachou un recado demandando a entrega do cabo, pois que só a el pertencía o dereito de dictaminar en xuízo sobre os delictos daqueles que estaban baixo o seu mando. O capitán xeneral, axudándose da pluma do xubiloso escribán, respondeu por extenso, argüíndo que, como o delicto fora cometido dentro das murallas da súa cidade e contra un dos seus funcionarios civís, el estaba con clareza dentro da súa propia xurisdicción. O gobernador replicou coa repetición da súa demanda. O capitán xeneral deu unha contrarréplica de aínda meirande extensión e perspicacia legal. O gobernador virou máis enérxico e perentorio nas súas demandas, e o capitán xeneral máis frío e delongado nas súas réplicas, ata o vello soldado de corazón de león bradar abertamente coa furia ó ser enguedellado deste xeito nas mallas da tirapuxa legal.

Entrementres, o astuto escribán estaba a se divertir por conta do gobernador, levaba a causa do cabo que, encurralado nun angosto calabozo da prisión, tiña tan só un ventanuco enreixado por onde amosa-lo seu rostro enmarcado de ferro e recibi-los confortos dos amigos.

O infatigable escribán amoreou con dilixencia unha montaña de testemuños escritos, consonte o estilo español; o cabo quedou enteiramente abafado por ela. Foi declarado culpable de asasinato e condenado á forca.

E foi en balde envia-lo gobernador amoestacións e ameazas á Alhambra. O día fatal estaba no limiar e o cabo foi posto "en capilla", quer dicir na capela do cárcere, como é feito sempre cos reos o día antes da execución, para eles poderen meditar no seu final próximo e se arrepentiren dos seus pecados.

Vendo que as cousas chegaban ó termo, o vello gobernador determinou ocuparse en persoa do asunto. E con este propósito mandou dispo-la súa carroza de gala e, rodeado dos seus gardas, baixou pola avenida que leva da Alhambra á vila. Guiando ata a casa do escribán chamouno ó portal.

Os ollos do vello gobernador faiscaban coma brasas ó fitar o riseiro leguleio a se adiantar con fasquía xubilosa.

—¿El que é iso que oín –berrou– de estares a pique de facer morrer a un dos meus soldados?

—Todo conforme coa lei; todo dentro da máis estricta xustiza –dixo o autosuficiente escribán, rindo entre dentes e fregando nas mans–. Pódolle amosar a vosa excelencia os testemuños escritos do caso.

—Traédeos acó –dixo o gobernador.

O escribán buliu a entrar no seu despacho, ledo de ter outra ocasión de mostra-lo seu enxeño á conta do teimudo veterano.

Volveu cun cartafol cheo de papeis e comezou a ler un longo testemuño coa verbosidade característica da profesión. Para entón xuntárase unha multitude a escoitar, co pescozo estalicado e maila boca aberta.

—Prégocho, home, entra na carroza, lonxe desta xentalla pestilente, para te eu poder oír mellor –dixo o gobernador.

Entrou o escribán na carroza e, no tempo dun lóstrego, péchase a portiña e o cocheiro fai vibra-la fusta. Mulas, carroza, gardas, todo arrancou coma unha chispa abouxante, deixando á multitude estantía; non parou o gobernador ata ter ben gardada a súa presa nunha das inexpugnables alxubes da Alhambra.

Logo enviou unha bandeira de tregua ó xeito militar, propondo un troco ou intercambio de prisioneiros –o cabo polo escribán–. Ferido no seu orgullo o capitán xeneral, replicou cunha negativa desdeñosa e, de contado, mandou erguer un cadafalso, alto e rexo, no medio da Praza Nova, para a execución do cabo.

—¡Ai si! ¿Andámosche nesas? –dixo "O Gobernador Manco". Deu ordes, e axiña foi levantada unha forca na beira mesmo do baluarte saínte que dominaba a praza.

"Agora", dicíalle nunha mensaxe ao capitán xeneral, "enforcade o meu soldado cando vos acaia, mais no intre de el arrandear no aire na praza, mirade cara a arriba e veréde-lo voso escribán bambear contra o ceo."

O capitán xeneral foi inflexible; formaron as tropas na praza, bateron os tambores, a campá repenicou. Xuntárase inmensa multitude de afeccionados para contempla-la execución.

Pola outra banda, o gobernador formou a súa gornición no baluarte e mandou badalear polo escribán na torre da campá.

Abriu paso entre a multitude a dona do escribán cunha enorme prole de escribaniños en xerme atrás dela e, guindándose ós pés do capitán xeneral, imploroulle que non sacrificase a vida do seu home co benestar propio e dos seus numerosos cativos por unha cuestión de orgullo "pois coñecéde-lo vello gobernador abondo", dixo ela, "para dubidar de que poña el en execución a súa ameaza, de vós enforcárde-lo soldado".

O capitán xeneral resultou abalado polas bágoas e mailos laios e chíos da tenra rolada. O cabo foi enviado para a Alhambra cunha escolta, en traxe de axustizado e encarrapuchado coma un frade, mais coa testa ergueita e o rostro de ferro. O escribán foi reclamado en troco. El, o noutrora rebuldeiro e autosuficiente curial, foi tirado do seu calabozo máis morto ca vivo. Toda a súa levidade e fachenda esvaeceran; o seu cabelo, disque, virara case que branco co medo, e tiña un aspecto acañado e a mirada fixa, coma se aínda sentise o barazo arredor do pescozo.

O vello gobernador pousou o seu único brazo no cadril e por un intre esculcou o escribán con sorriso feroz.

—De agora en diante, meu amigo –díxolle– temperade o voso celo por correrdes a envia-los outros á forca; non esteades certo de máis da vosa seguridade, mesmo cando teñáde-la lei da vosa parte; e, diante de todo, tende tino de non botar man das vosas mañas outra vez cun vello soldado.

 

II

LENDA DO PRÍNCIPE AHMED AL KAMEL OU O PEREGRINO DE AMOR

Había un rei mouro de Granada que tivo un fillo só, chamado Ahmed, ó que os palacianos engadiron o sobrenome de Al Kamel ou "O Perfecto" polos sinais indubidables dunha excelencia singular que percibiran nel dende a infancia máis temperá. Os astrólogos apoiáronos no seu prognóstico, agoirando no seu favor todo canto cumpría a un príncipe perfecto e mais a un próspero soberano. Restaba unha soa nube no seu destino, e mesmo era de ton rosado. Había ser el de temperamento namoradeiro e correría grandes perigos por mor desa tenra paixón. Así e todo, de o manteren afastado dos deleites e afagos do amor ata a idade de madureza, eses riscos habían ser coutados e a súa vida, de alí en diante, sería un decurso ininterrompido de felicidades.

Pois para atallar todo perigo desta caste, o rei determinou, con sabedoría, cria-lo príncipe nunha reclusión tal onde nunca vise rostro de muller nin mesmo oíse a palabra "amor". Con este propósito construíu un palacio fermoso no curuto do outeiro que sobranceaba a Alhambra, no medio de xardíns deliciosos, mais de certo rodeado de elevadas murallas; o mesmo palacio coñecido no día presente polo nome de Xeneralife. E neste palacio foi pechado o príncipe novo, confiándolle a súa tutela e instrucción a Eben Bonabben, un dos máis doutos e rigorosos dos sabios árabes, que pasara a meirande parte da súa vida en Exipto, a estudiar xeroglíficos e a facer pescudas entre as campas e pirámides, e que vía máis encantos nunha momia exipcia que na máis deliciosa das belezas viventes. Ordenáronlle ó sabio instruí-lo príncipe en toda sorte de coñecementos, agás nun: había permanecer, por enteiro, ignorante do amor.

—Usa canta precaución estimes axeitada ó propósito –díxolle o rei– , mais lembra, oh Eben Bonabben, que de o meu fillo aprender un algo desa ciencia prohibida mentres está baixo o teu coidado a túa cabeza ha responder por iso.

Abrollou u sorriso na seca faciana do douto Bonabben ante a ameaza.

—Que o corazón da súa maxestade estea tan tranquilo verbo do seu fillo como está o meu verbo da miña cabeza. ¿El son eu home con fasquía de dar leccións sobre esa paixón tan ociosa?

Baixo o coidado vixilante do filósofo, o príncipe foise criando e medrando na clausura do palacio e mais dos xardíns.

El tiña escravos negros para o servir –mudos e noxentos– que non sabían cousa do amor ou, de a saberen, non tiñan palabras para comunicala. Os seus dotes mentais eran o coidado especial de Eben Bonabben, que intentaba inicialo no abstruso saber do Exipto; mais nisto o príncipe facía pouco progreso, e foi pronto evidente que non tiña xeito ningún para a filosofía.

Era, non obstante, asombrosamente dúctil para ser un príncipe noviño, disposto a seguir calquera consello e ser guiado sempre polo último mentor. Coutaba os seus bocexos e escoitaba con paciencia os discursos longos e eruditos de Eben Bonabben, dos que zugaba unhas nocións de varias sortes de saberes; e deste xeito acadou con ventura os seus vinte anos, feito un milagre de sabenza principesca.... mais ignorante por completo do amor.

Por este tempo, emporiso, xurdiu unha mudanza no comportamento do príncipe. Abandonou por enteiro os estudios e deu en vagar polos xardíns e cavilar á beira das fontes. Aprendera un algo de música, entre as súas variadas habelencias; agora absorbíalle boa parte do tempo e íaselle manifestando unha afección pola poesía. O douto Eben Bonabben tocou a rebato e esforzouse en arredar do príncipe estas vas inclinacións cun severo curso de álxebra, mais o príncipe desbotouno con noxo.

—Non podo atura-la álxebra –dixo–, é un fastío para min. Cómpreme algunha cousa que fale máis ó corazón.

O sabio Eben Bonabben engurrou o rostro enxoito ó escoitar estas palabras.

"Ei-lo final para a filosofía", pensou, "¡O príncipe descubriu que ten corazón!"

Daquela esculcou con ansia no seu alumno, e viu que a tenrura agochada na súa natureza estaba en actividade e tan só falla dun obxecto. Vagabundeaba Ahmed polos xardíns do Xeneralife nunha embriaguez de sentimentos, dos que descoñecía a causa. De por veces sentaba el, mergullado nun enlevo delicioso; entón apañaba o laúde e tiraba del as notas máis abalantes, e logo afastábao de si e desatábase en suspiros e laios.

A modiño, este xeito agarimoso principiou a se estender a obxectos inanimados; tiña flores favoritas ás que acariciaba con tenra asiduidade; despois foise afeccionando a varias árbores, habendo unha en particular, de forma graciosa e follame macia, na que prodigaba a súa devoción amorosa: gravando o seu nome na cortiza, pendurando grilandas nas pólas e entoando cantigas no seu loor coa compaña do laúde.

Alarmouse o sabio Eben Bonabben ante o tal estado de axitación do seu pupilo. Viuno á propia beira do coñecemento prohibido: o máis pequeno sinal podíalle revela-lo fatal segredo. E tremendo pola salvación do príncipe e mais pola seguridade da propia cabeza, buliu a afastalo das seduccións do xardín e choeuno na torre máis alta do Xeneralife. Contiña esta apousentos fermosos e deixaba albiscar unha perspectiva case que ilimitada, mais erguíase ben por riba daquela atmosfera de peperetes e daquelas meigas ramalladas tan perigosas para os sentimentos do delicado Ahmed.

¿El que cumpría facer, xa que logo, para reconcilia-lo discípulo con estas restriccións e distrae-las horas de fastío? O sabio esgotara case tódalas variedades de coñecemento agradables; e a álxebra non había de ser mencionada. Por sorte, Eben Bonabben fora instruído, cando estivera en Exipto, na lingua dos paxaros por un rabí xudeu que a recibira, en liña directa, de Salomón o Sabio; quen fora instruído nela pola raíña de Saba. Ante a simple mención de tal sorte de estudio, os ollos do príncipe lostregaron de entusiasmo, e aplicouse a el con semellante ansia que axiña chegou a ser tan grande experto coma o seu mestre.

A torre do Xeneralife xa non foi unha clausura en soidade; el tiña compañeiros á man cos que poder parolar.

O primeiro coñecemento que fixo foi o dun falcón que construíra o seu niño nunha fenda das ameas do tellado, de onde osmaba cara a xalundes en procura da presa. O príncipe, así e todo, achou pouca cousa nel para se afeccionar ou a estimar. Era o falcón un simple pirata do ar, fachendoso e farfantón, que só palicaba de rapina, afouteza e mais sanguentas e destemperadas fazañas.

Logo entrou en relación cunha curuxa, un paxaro enorme de fasquía impoñente e sabichona, cunha cabeza desconforme e os ollos fixos e regalados, que botaba o día enteiro a chiscar e a esguella-los ollos nun burato da parede, mais á noite ruaba por aí adiante. Tiña ela pretensións de moito saber, palicaba un algo de astroloxía e mais da lúa, e aludía ás ciencias ocultas; pero, por mágoa, era moi dada á metafísica, e o príncipe atopou os seus parrafeos aínda máis pesados cós do sabio Eben Bonabben.

Daquela, apareceu un morcego que penduraba o día enteiro dun recuncho escuro na bóveda da torre, mais corricaba por aí con desleixo na hora do lusco fusco. Con todo, este non tiña senón ideas toldadas verbo de tódolos asuntos, lilainas das que collera só unha noción imperfecta, e semellaba non ter pracer en cousa ningunha.

Amais destes todos houbo tamén unha andoriña, coa que o príncipe, ó primeiro , estivo moi engaiolado. Era ela unha paroleira moi aguda, pero sen acougo, bulindo e sempre no ar, a penas con vagar abondo para manter unha conversa calquera. Resultou ó cabo ser unha coñecedora de pouco siso, que só destonaba as cousas raspando na superficie, que pretendía sabelo todo, mais sen coñecer nada de xeito cabal.

Foron estes os únicos compañeiros con ás cos que o príncipe tivo algún conxeito de exercita-la lingua que acababa de aprender; era a torre alta por de mais para que calquera outra caste de paxaros a frecuentaren. Pois axiña virou canso das súas novas amizades, todas elas dun parolar que dicía tan pouco á cabeza e nada ao corazón. E pouco e pouco recaeu na súa señardade. Pasou o inverno, a primavera abrollou con todo o seu vizoso verde e a súa dozura latexante, e chegou o tempo venturoso para os paxaros se emparellaren e faceren os seus niños.

De súpeto, conforme acontecía, un estouro universal de cantares e melodías xurdiu dos arboredos e mais dos xardíns do Xeneralife, atinxindo ó príncipe na soidade da súa torre. Dende xalundes sentía a mesma melodía e motivo universais –amor, amor, amor– cantados en ofrenda e respondidos en tódalas variedades de notas e mais de tons. O príncipe escoitaba, silandeiro e perplexo. "¿El qué cousa será este amor", cavilaba, do que o mundo semella tan cheo e do que eu nada sei?" Requiriulle informes ó seu amigo o falcón. O paxaro brigante respondeu con menosprezo:

—Iso demandádello s paxaros vulgares e pacíficos da terra, feitos para seren presa de nosoutros, os príncipes do ar. O meu labor é a guerra, e a loita é o meu lecer. Nunha verba, eu son guerreiro e non vos sei nada desa cousa que chaman amor.

O Príncipe ´marchou de onda el con noxo e procurou a curuxa no seu retiro. "Velaquí un paxaro de costumes sosegados, e pode ser que sexa quen de resolve-la miña pregunta", pensou. De xeito que lle pediu á curuxa que lle dixese qué era ese amor verbo do que tódalas aves dos arboredos de embaixo estaban a cantar.

En que o oíu, a curuxa puxo fasquía de dignidade ofendida.

—As miñas noites –díxolle– están ocupadas no estudio e na pescuda, e os días en remoer na miña cela en todo canto levo aprendido. Tocante a eses paxaros cantores dos que falades, eu nunca os escoito: desprézoos a eles e mais ás súas melodías. Eu non sei cantar, Alá sexa loado; son un filósofo e non vos sei nada desa cousa chamada amor.

O príncipe reparou daquela na bóveda, onde o seu amigo o morcego penduraba dos calcaños, e fíxolle a mesma pregunta. O morcego engurrou o bico con expresión alporizada e irta.

—¿El por qué me interrómpe-la soneca da mañá con pregunta tan escusada? –dixo amuado–. Eu só voo no lusco fusco, cando tódolos paxaros adormecen, e nunca me amolo cos seus asuntos. Eu non son paxaro nin cuadrúpede, e estoulle agradecido ó ceo por iso. Levo sabido da ruindade deles todos e aborrézoos a todos e a cada un. Nunha palabra, son misántropo e non sei cousa diso que chaman amor.

Como recurso derradeiro, o príncipe procurou agora a andoriña, parándoa xusto cando andaba a revoar en volta do cumio da torre. A andoriña, conforme adoitaba, levaba unha présa enorme e a penas tiña tempo para responder.

—Abofé vos teño tantos negocios públicos para me interesar e tantas ocupacións que non tiven vagar para pensar no tema. Teño que facer de cote un milleiro de visitas, e escudriñar mil asuntos de importancia, de maneira que non me deixan un momento de lecer para esas cousiñas dos rechouchíos. Nun amén dito, son cidadán do mundo. Non vos sei nada desa cousa chamada amor.

E así dicindo, a andoriña mergullouse no val e desapareceu da vista nun instante.

O príncipe quedou decepcionado e incerto, mais coa curiosidade aínda mais aguilloada pola dificultade de a satisfacer. E achándose el neste talante, entrou o seu vello gardián na torre. O príncipe avanzou arelante ó seu encontro.

—¡Oh, sabio Eben Bonabben! –berrou–. Tesme revelado moita da sabedoría da terra, mais hai unha cousa da que eu sigo en total ignorancia e devezo por me instruír nela.

—O meu príncipe non ten senón preguntar, e todo canto que está ó alcance da limitada intelixencia do seu servidor queda á súa disposición.

—Daquela dime, oh ti o máis profundo dos sabios, ¿cal é a natureza desa cousa chamada amor?

O sabio Eben Bonabben quedou coma se o fendese unha raio. Arreguizou e virou pálido, e sentiu coma se lle abanease a cabeza sobre os ombreiros.

—¿El quen lle puido suxeri-la tal pregunta ó meu príncipe, onde aprendeu palabra tan escusada?

O príncipe guiouno ata a fiestra da torre.

—Escoitade, ¡oh Eben Benabben! –dixo.

O sabio escoitou. O reiseñor, nunha bouza que había embaixo da torre, andaba a cantarlle á súa amiga a rosa; de cada póla florida ou arboredo enfeitado xurdía un son de melodías, e "amor, amor... amor" era sempre o invariable retrouso.

¡Allah Akbar! ¡Deus é grande! –exclamou o douto Bonabben–. ¿Quen ha pretender afastar este segredo do corazón do home, cando mesmo os paxaros do aire conspiran para o traizoar?

Logo, virando cara a Ahmed, exhortouno:

—¡Oh meu príncipe! Pecha as túas orellas a estes acordes seductores. Cerra a túa mente a este coñecemento perigoso. Sabe que o amor este é a causa da metade dos males da coitada humanidade mortal. É el quen produce amargor e liortas entre irmáns e amigos, quen causa o asasinato traizoeiro e a guerra arrasadora. Ansia e mágoa, días fatigosos e noites sen sono son o seu cortexo. El murcha a louzanía e mera as ledicias da xuventude, e trae consigo as doenzas e mágoas da vellez prematura. ¡Gárdete Alá, meu príncipe, en total ignorancia desa cousa chamada amor!

O sabio Eben Bonabben retirouse axiña, deixando o príncipe ensumido nunha incerteza aínda máis fonda. Foi inútil que intentase refuga-lo asunto do seu espírito; aínda seguía a rexer nos seus pensamentos, e encerellaba e esgotaba a súa mente en conxecturas vas. "De seguro", dicía entre si, en que escoitaba os harmoniosos acordes dos paxaros, "que non hai tristura ningunha neses trémolos; todo semella tenrura e delicia. Se o amor é a causa de tanta miseria e liorta, ¿por que non andan estes paxaros caídos na soidade ou a se faceren cachizas uns ós outros, no canto de revoaren con xúbilo polos soutos ou rebuldaren xuntos entre as flores?

Pousaba el unha mañá no seu diván a cavilar sobre ese inexplicable asunto. A fiestra da súa cámara ficaba aberta para recibi-la suave brisa matinal que viña cargada co arrecendo das flores de laranxeira do Val do Darro. A voz do reiseñor escoitábase velaíña, aínda a canta-lo motivo de sempre. Cando o príncipe estaba a escoitar e a suspirar, houbo un bruído súpeto a irromper no aire; unha fermosa pomba, perseguida por un falcón, cimbrouse pola ventá e caeu abafante no sollado, mentres que o perseguido, fallada a presa, remontou para as montañas.

O príncipe apañou a pomba boquexante, alisoulle as plumas con aloumiños e acochouna contra do seu peito. En que a el acougara coas súas caricias, púxoa nunha gaiola de ouro e ofreceulle nas propias mans o máis branco e requintado dos trigos e a máis pura das augas. A ave, así e todo, recusaba a mantenza e ficaba decaída e esmorecente, a ceibar laios magoantes.

—¿El que te desacouga? –preguntoulle Ahmed– ¿Seica non tés todo canto o teu corazón pode desexar?

—¡Ai, non! –respondeu a pomba–. ¿Acaso non estou arredada do compañeiro do meu corazón? ¡E iso por riba no tempo feliz da primavera, a propia estación do amor!

—¡Do amor! –repetiu Ahmed–; prégocho, meu paxariño, ¿podes ti logo contarme qué é amor?

—Ben de máis podo contalo, meu príncipe. El é o tormento de un, a felicidade de dous, a liorta e maila inimizade de tres. El é un engado que atrae dous seres e os xunta por deliciosa simpatía facendo a dita, de estaren en compañía, e a desgracia cando están afastados. ¿El non hai ningún ser ó que esteas unido con estas ligames de tenro afecto?

—Estimo ó meu vello mestre Eben Bonabben máis do que a ningún outro ser, pero a miúdo faise aborrecido e eu, por veces, síntome máis feliz sen a súa compaña.

—Esa non é a simpatía á que me eu refiro. Eu falo do amor, o gran misterio e principio da vida, a troula embriagadora da xuventude, o sobrio deleite da idade tardía. Olla diante túa, meu príncipe, e contempla como nesta benzoada estación toda a natureza está inzada de amor. Cada ser creado ten a súa parella; o máis insignificante dos paxaros cántalle á súa amiga; o mesmo escaravello faille as beiras á súa dona no po, e, ó lonxe, as bolboretas que ves revoar por riba da torre e rebuldar no aire son felices nos seus mutuos amores. ¡Ai, meu príncipe! ¿Botaches tantos días preciosos da mocidade sen saberes cousa de amor? ¿El non hai ningún xentil ser do outro sexo, ningunha princesa fermosa ou damisela feiticeira que enguedellase o teu corazón e enchese o teu peito cun doce balbordo de dores saborosas e tenras arelas?

—Comezo a entender –dixo o príncipe, a suspirar– que teño experimentado un balbordo semellante máis dunha vez. Sen coñece-la causa... ¿E onde hei eu procurar un obxecto, conforme ti o describes, nesta soidade medoña?

Decorreu un anaquiño máis de conversa, e completouse a primeira lección de amor do príncipe.

—¡Ai! –dixo–. Se o amor é de certo unha delicia semellante, e a súa privación unha mágoa tan grande, ¡príveme Alah de eu estraga-lo relouco de calquera dos seus devotos!

Abriu a gaiola, tirou fóra a pomba, e logo de a bicar con agarimo, levouna á fiestra.

—Vaite, paxaro feliz –dixo–, goza co compañeiro do teu corazón nos días da xuventude e mais da primavera. ¿Pois por que te converter en prisioneiro nesta torre tristeira onde o amor nunca pode entrar?

A pomba bateu as ás con arroubo, encimouse trazando un círculo no ar e logo cimbrou con ás asubiantes cara ás floridas ramalleiras do Darro.

O príncipe seguiuna cos ollos, e logo deu curso a amargos reproches. O cantar dos paxaros que o deleitara noutrora, arestora medraba a súa amargura. ¡Amor! ¡Amor! ¡Amor! ¡Ai, pobre da miña xuventude!, traducía agora o acorde aquel.

Os seus ollos alapeaban en que , a seguir, dexergou ao sabio Bonabben.

—¿Por que me tiveches nesta ignorancia abxecta? ––berrou–. ¿Por que o gran misterio e principio da vida me foi agachado, no que atopo ser tan instruído o máis nimio insecto? Olla como toda a natureza está nunha esmorga de deleites. Cada ser creado relouca coa súa parella. Eis, ei-lo amor verbo do que eu procurei ensino. ¿El por que son eu só o único excluído do seu goce? ¿Por que se desperdiciou tanta parte da miña xuventude sen eu ter coñecemento dos seus arroubos?

O sabio Bonabben viu que toda ulterior reserva era escusada, pois que o príncipe adquirira o coñecemento perigoso e prohibido.

Reveloulle, xa que logo, as prediccións dos astrólogos e mailas precaucións que foran tomadas na súa educación para couta-los males que o ameazaban.

—E agora, meu príncipe –engadiu– a miña vida está nas vosas mans. En canto o rei voso pai descubra que aprendéste-la paixón do amor estando baixo a miña garda, a miña cabeza ha responder por iso.

O príncipe era tan razoable coma os máis dos mozos do seu tempo e escoitou de grado as amoestacións do seu titor, xa que nada o predispuña en contra delas. Ademais, tomáralle afecto realmente ó sabio Bonabben; e tendo ata entón só un coñecemento teórico da paixón de amor, consentiu en confinar este saber no fondo do seu peito antes que pór en risco a cabeza do filósofo.

Mais a súa discreción era predestinada, así e todo, a ser exposta aínda a futuras probas. Poucas mañás máis adiante, cando andaba a cismar polas ameas da torre, a pomba que ceibara veu cara a el revoando no ar e pousou sen medo no seu ombreiro.

O príncipe agarimouna contra o seu corazón.

—¡Ave feliz, que podes voar, coma quen di, coas ás da mañá deica as máis remotas partes da terra! –dixo– ¿El onde estiveches desde que nos separamos?

—Nun país de lonxe, meu príncipe, de onde vos traio novas en premio pola miña liberdade. Na desmesurada larganza do meu voo, que se estende por chairas e montañas, conforme eu ía encimando no ar, aluquei baixo de min un xardín delicioso con toda clase de froitas e de flores. Estaba nun verde lameiro, nas beiras dun regato murmurador, e no medio do xardín había un palacio maxestoso. Pousei nunha das enramadas para descansar logo do meu voo fatigante. E na verde ribeira, embaixo de min, había unha xuvenil princesa no cumio da dozura e florecemento da súa idade. Estaba rodeada das súas camareiras, novas coma ela, que a enfeitaban con grilandas e coroas de flores, mais flor ningunha ventureira ou de xardín podía compararse con ela en beleza. Con todo, alí florecía ela en segredo, pois o xardín estaba rodeado por altos valados e ningún home mortal tiña licencia para entrar nel. En que ollei esta fermosa rapariga, tan nova e inocente e sen lixar polo mundo, pensei: "Velaquí o ser criado polo ceo para inspira-lo amor no meu príncipe".

A descrición foi unha muxica de lume para o corazón combustible de Ahmed; todo o namoro latente que había no seu temperamento tivo, ó cabo, un obxecto e concibiu o príncipe unha paixón desmedida pola princesa. Escribiu unha carta, redactada na máis ardente das linguaxes, vertendo en suspiros a súa devoción apaixonada, mais laiándose da malfadada escravitude da súa persoa, que o privaba de ir procurar fóra e de se tirar el propio ós seus pés. Engadía versos da elocuencia máis tenra e abalante, pois que era el poeta por natureza e inspirado polo amor. Dirixiu a súa carta: "Á descoñecida beleza, do coutado príncipe Ahmed"; logo, aromándoa con almiscre e rosas, deulla á pomba.

–¡Vaia lixeiro o máis leal dos mensaxeiros! –dixo–. Voa sobre a montaña e mailo val, o río e maila chaira; non descanses no souto ni poñas pé en terra, ata lle dares esta carta á dona do meu corazón.

A pomba encimou alto no ar e, collendo o seu rumbo, lanzouse como unha frecha sen varia-la dirección. O príncipe seguiuna cos ollos deica ela ser só unha vedelliña nunha nube; e pouco e pouco, desapareceu tras dunha montaña.

Agardou un día tras doutro o príncipe polo retorno do mensaxeiro de amor. Mais agardou e van. Comezaba xa a acusalo de esquecedizo, cando, unha tardiña ó solpor, o paxaro fiel entrou voando dentro da súa cámara e, caendo ós seus pés, expirou. A frecha dalgún arqueiro brincallón atravesáralle o peito, aínda que loitara co resto da vida que lle quedaba para cumpri-la súa misión. Cando o príncipe se debruzaba con mágoa sobre este xentil mártir da lealdade, reparou nunha cadea de perlas ó redor do pescozo da ave, á cal estaba unido baixo a á un cadriño esmaltado. Este representaba unha engaiolante princesa na mesma flor da idade. Tratábase, sen dúbida, da descoñecida beleza do xardín, mais, ¿quen era e onde estaba ela? ¿Como recibira a súa carta? ¿E enviara o retrato como mostra de aceptación do seu amor? Por malfado, a morte da fiel pomba deixaba todo no misterio e mais na dúbida.

O príncipe fitaba o retrato ata os ollos lle esbagullaren. Aprémao cos beizos e contra do seu corazón; sentaba a contemplalo durante horas, case que a agoniar de tenrura. "¡Imaxe fermosa!, dicía para si. "¡Ai, non es máis ca unha imaxe! Aínda así os teus ollos escintilan con tenrura nos meus; eses beizos de roibén semella que quixesen falar para me daren azos. ¡Fantasías vas! ¿Non ollaron eles do mesmo xeito algún rival con máis sorte? ¿El quen sabe que montañas, que reinos nos separarán, que conxeito adverso se pode interpor? Quizais agora, mesmo arestora, os amigos anden ás moreas á beira dela, mentres eu fico aquí prisioneiro na miña torre, malgastando o tempo na adoración dunha sombra pintada."

O príncipe Ahmed tomou a súa decisión. "Fuxirei deste palacio –dixo para si– que virou para min en prisión noxenta e, peregrino de amor, hei procurar polo mundo esta princesa descoñecida." Escapulir da torre polo día, en que todos estaban aleutos, podía ser asunto difícil; máis á noite o palacio estaba escasamente vixiado, pois ninguén matinaba nunha tentativa desta sorte por parte do príncipe, que tiña sido de cote tan pasivo no seu cativerio. ¿Mais cómo se había guiar, a fuxir na escuridade, sendo descoñecedor do país e daquela bisbarra? Pensou na curuxa, que estaba afeita a ruar pola noite e debía coñecer tódolos derrubadoiros e mailos pasos secretos. Índoa procurar no seu acubillo, interrogouna verbo do seu coñecemento da bisbarra. Nestas, a curuxa empoleirouse nunha fasquía impoñente e fachendosa.

—Habedes saber, oh príncipe, que nó-los mouchos somos dunha familia moi vedraña e moi extensa, aínda que bastante decaída, e posuímos castelos e palacios ruinosos xalundes por España adiante. Malamente hai torre nas montañas, fortaleza nas chairas ou vella cidadela de calquera vila que non teña algún irmán, ou tío, ou curmán de meu apousentado alí; e ó ir de rolda visitar esta numerosa parentela miña, levo eu guichado en cada curruncho e recanto, e son coñecedora de tódolos segredos e acubillos da bisbarra.

O príncipe estaba reloucante por atopa-la curuxa tan fondamente versada en topografía, e daquela informouna, en confianza, da súa tenra paixón e mais da súa proxectada fuga, urxíndoa a se-la súa compañeira e conselleira.

—¡Vaites, vaites! –dixo a curuxa con xesto de desagrado–. ¿Son eu paxaro para me ocupar dun asunto amoroso? Eu, da que o tempo enteiro está dedicado á meditación e mais á lúa.

—Non te ofendas, moi digna curuxa –retrucou o príncipe–; arrédate algún tempo da meditación e mais da lúa, e axúdame a liscar, e has ter canto o teu corazón poida arelar.

—Xa o teño –dixo a curuxa–. ¡Uns poucos ratos abondan para a miña mesa frugal, e este burato na parede é amplo bastante para os meus estudios! ¿E el que máis pode arelar unha filósofa coma min?

—Lembra, moi sabia curuxa, que mentres esmoreces na túa cela e fitas a lúa, tódolos teus talentos son perdidos para o mundo. Eu serei nalgún día príncipe soberano, e é posible que te eleve a algún posto de honra e dignidade.

A curuxa, aínda que filósofa e por riba dos vulgares apetitos da vida, non estaba por riba da ambición; así que foi ó cabo persuadida para liscar co príncipe e mais para ser guieiro e mentor na súa peregrinaxe.

Os planos dun namorado son cumpridos axiña, o príncipe xuntou tódalas alfaias e agachounas na súa persoa para lle serviren como fondos para os gastos da viaxe. Esa mesma noite descendeu por un balcón da torre, agatuñou polas murallas exteriores do Xeneralife e, guiado pola curuxa, completou a súa fuxida deica as montañas antes de raia-lo día.

Entón, deliberou co seu mentor verbo do rumbo que habían coller.

—De eu poder aconsellar –dixo a curuxa–, recomendaríavos encamiñármonos a Sevilla. Tendes de saber que, xa hai ben anos, fun eu visitar un tío, un moucho de gran dignidade e poderío, que vivía nun pavillón ruinoso do alcázar daquel lugar. Nos meus voexos nocturnos sobre a cidade, reparei a miúdo nunha luz que ardía nunha torre solitaria. Ó cabo pousei nas ameas e achei que procedía da lámpada dun mago árabe; estaba rodeado dos seus libros de maxia e no ombreiro tiña empoleirado o seu familiar, un corvo vello que viñera con el dende Exipto. Son coñecida do corvo ese, ó que lle debo unha gran parte do saber que posúo. O mago xa morreu, mais o corvo aínda habita na torre, pois estes paxaros son de vida prodixiosamente longa. Eu aconsellaríavos, oh príncipe, procurarmos ese corvo, pois que é adiviñador e meigo, e trata na maxia negra, por mor do cal tódolos corvos, e especialmente os de Exipto, teñen sona.

O príncipe quedou aglaiado coa sabedoría deste consello, e conforme con el torceu o rumbo cara a Sevilla. Só viaxaba de noite para se acomodar á compañía, e deitábase polo día nalgunha furna escura ou atalaia esborrallada, pois que a curuxa sabía de tódolos acubillos desa caste, e tiña os ventos do mellor anticuario para as ruínas.

Ó cabo, unha mañá, ó escreba-lo día, chegaron á cidade de Sevilla, onde a curuxa, que aborrecía a claridade lampexante e mailo rebumbio das rúas ateigadas, parou fronte da porta da vila e apousentou nunha árbore oca.

O príncipe traspuxo a porta e axiña deu coa torre máxica, que se sobresaía das casas da cidade, conforme un palmeiro sobrancea sobre os arbustos do deserto; ela era de certo a propia torre que se ergue hoxe en día e é coñecida como a Xiralda, a famosa torre moura de Sevilla.

O príncipe subiu por unha longa escaleira en espiral ata o cumio da torre, onde achou o cabalístico corvo, un paxaro misterioso coa testa agrisada e plumaxe farrapenta, cunha belida nun ollo que lle daba a mirada dunha pantasma. Empoleirábase nunha pata, coa testa virada para un lado, a fitar co ollo que lle restaba nun diagrama deliñado no sollado.

O príncipe achegouse a el co temor e a reverencia que inspiraban en por si a súa fasquía venerable e sobrenatural sabedoría.

—Dispensádeme, vellísimo e sapientísimo corvo –exclamou– se por un momento interrompo eses estudios que son a marabilla do mundo. Contemplades diante de vós un secuaz do amor, que procuraría de grado o voso consello sobre como acada-lo obxecto da súa paixón.

—Dito doutro xeito –inquiriu o corvo cunha ollada significante–, que tratades de proba-la miña habelencia na quiromancia? Veña, mostrádeme a man e deixádeme descifra-las misteriosas liñas da fortuna.

—Escusádeme –dixo o príncipe–. Eu non veño axexar nos secretos do fado, agachados por Alah dos ollos dos mortais; eu son un peregrino do amor e só procuro achar un rastro que me guíe deica o obxecto da miña peregrinaxe.

—¿Pois é posible que teñades algunha pexa para achar un obxecto tal na amorosa Andalucía? –dixo o vello corvo, reparando nel de esguello e retranqueiro co único ollo–. Sobre todo, ¿é posible que teñades algún atranco nesta Sevilla rebuldeira, onde raparigas de ollos mouros bailan a zambra en calquera horto de laranxeiras?

O príncipe arrubiou e foi un algo abalado ó escoitar un paxaro vello cunha pata no sartego parolar dese xeito tan relaxado.

—Crédeme –díxolle con gravidade–. Eu non son alguén tan livián e vagabundo e alcaiote como ti insinúas. As raparigas de ollos negros de Andalucía, que danzan entre os hortos de laranxeiras do Guadalquivir, son nada para min. Eu ando na procura dunha beleza descoñecida pero inmaculada, o orixinal deste retrato, e prégoche, moi poderoso corvo, se está dentro dos límites do teu saber ou do alcanzable pola túa arte, que me informes de onde ela pode acharse.

O encarecido corvo sentiuse magoado pola gravidade do príncipe.

—¿Eu que sei –retrucou secamente– de xuventude e mais de beleza? As miñas visitas son para o vello e murcho, non para o fresco e fermoso. O arauto do destino son eu, que grallo agoiros de morte dende o cumio das chemineas, e bato as ás na fiestra do doente. Tendes de procurar noutra parte novas da vosa descoñecida beldade.

—¿E onde hei procurar se non é cabo dos fillos da sabedoría, versados no libro do destino? Eu son príncipe real, fadado polas estrelas, e enviado a unha empresa misteriosa, da que penda tal vez o destino de imperios.

Cando o corvo oíu que se trataba dun asunto de abonda importancia, no que as estrelas tiveran influxo, mudou de ton e maneiras, e escoitou con atención profunda a historia do príncipe. En que concluíu el, respondeu:

—Tocante a esa princesa, non che podo dar información ningunha de meu, pois que o meu voo non é entre xardíns nin polos cenáculos das donas, mais bule axiña para Córdoba, procura o palmeiro do grande Abderrahmán, que se ergue no patio da mesquita principal; ó pé del atoparás un gran viaxeiro que leva visitado tódolos países e mais tódalas cortes, e ten sido o favorito de raíñas e mais princesas. Hache dar novas do obxecto das túas pescudas.

—Moitas gracias por esta preciosa información –agradeceu o príncipe–. Adeus, moi venerable meigo.

—Adeus, peregrino de amor –dixo o corvo secamente, e ensumiuse de novo a matinar no diagrama.

O príncipe saíu a correr de Sevilla, procurou a súa compañeira de viaxe, a curuxa que aínda durmía na árbore oca, e arrancaron para Córdoba.

Acarreiraron deica aló a través de xardíns colgantes e hortos de laranxeiras e limoeiros, dominando coa vista o lindo val do Guadalquivir. En que chegaron diante das portas, a curuxa voou ata un burato escuro da muralla e o príncipe seguiu na procura do palmeiro plantado en días de lonxe polo grande Abderrahmán. Erguíase no medio do gran patio da mesquita, sobranceando en medio das laranxeiras e mailos alciprestes. Dervixes e faquires sentaban en grupos baixo das arcadas do patio e moitos dos crentes estaban a face-las ablucións nas fontes, antes de entraren na mesquita.

Ó pé do palmeiro había unha multitude e escoita-las palabras de alguén que parecía falar con gran locuacidade. "Este –dixo para si o príncipe– ha se-lo gran viaxeiro que me vai da-las novas da princesa descoñecida." Mesturouse coa multitude, mais quedou abraiado ó se decatar que estaban todos a escoitar un papagaio, que coa súa plumaxe verde e brillante, ollada impertinente e topete empoleirado, tiña a fasquía dun paxaro en excelentes relacións consigo mesmo.

—¿El como é –díxolle o príncipe a un dos circunstantes– que tantas persoas serias poidan gorenta-la leria dun paxaro larapeteiro?

—Non sabedes de quen falades –díxolle o outro–. ¡Este papagaio é descendente do famoso papagaio de Persia; de sona polo seu talento para contar contos. Ten toda a erudición do Oriente no bico da lingua, e pode citar poesía de memoria tan á présa como fala. Leva visitadas varias cortes estranxeiras, onde foi considerado un oráculo de sabedoría. Tamén ten sido en algures favorito do belo sexo, que ten unha enorme admiración polos papagaios que saben recitar poesía.

—Abonda –dixo o príncipe– ; hei falar un algo con este distinguido viaxeiro.

Procurou unha entrevista reservada e expúxolle a natureza da súa misión. E non ben mencionou o asunto, cando o papagaio desatou a rir con estronicio ata esmendrellarse, alagándolle os ollos o cachón de abundantes bágoas.

—Escusade o meu relouco –dixo–, mais a simple mención do amor sempre me pon a rir.

Ó príncipe resultáralle chocante aquel reloucar a destempo.

—¿Pois non é o amor –dixo– o gran misterio da natureza, o principio secreto da vida, o vencello universal de simpatía?

—¡Andrómenas! –berrou o papagaio, interrompéndoo–. Prégocho, ¿onde aprendiches esa retrónica sentimental? Fía en min; o amor estache moi fóra de voga; nunca se oe falar del entre persoas de talento e xente requintada.

O príncipe suspirou en lembrando as falas ben diferentes da súa amiga a pomba. Mais este papagaio, pensou el, vivira na corte; quere imita-lo enxeño e o xentilhome refinado; non sabe cousa da cousa chamada amor. E non querendo dar conxeito a se facer máis chufa do sentimento que enchía o seu corazón, dirixiu as súas pescudas ó propósito inmediato da súa visita.

–Dime –díxolle–, moi cumprido papagaio; ti que fuches admitido xalundes nas máis recónditas moradas da beleza, ¿atopaches no decurso das túas viaxes co orixinal deste retrato?

O papagaio apañou o cadro coa súa pouta, virou a cabeza dun lado para outro e esculcou nel con curiosidade con un e co outro ollo.

—Abofé que é –dixo– unha cara ben bonita, ben bonita; mais ocorre un ve tantas mulleres bonitas nas súas viaxes que mal pode un... mais agarda... ¡Deus diante! Agora vouno mirar de novo... Con bastante certeza, esta é a princesa Aldegunda. ¿Como podía eu esquecer a quen é un prodixio de beleza e que tanto me favoreceu?

—¡A princesa Aldegunda! –repetiu o príncipe–. ¿E onde se pode atopar?

—A modo, a modo –dixo o papagaio–. É máis doado atopala que gañala. Évo-la única filla do rei cristián que reina en Toledo, e está choída, illada do mundo, ata que faga os dezasete anos, por cousa dalgún agoiro deses fulanos trapalleiros e liantes chamados astrólogos. Non veredes nin relostro dela; home mortal ningún pode vela. Eu fun admitido á súa presencia para a distraer, e asegúrovos, so palabra de papagaio que leva visto o mundo, que teño conversado con princesas do meu tempo ben máis parvas.

—Unhas verbas en confianza, meu querido papagaio –dixo o príncipe–. Eu son herdeiro dun reino, e algún día hei sentar no trono. Ben vexo que sodes ave de mérito e coñecéde-lo mundo. Axudádeme a gaña-la posesión desta princesa, e eu heivos ascender a algún posto distinguido na miña corte.

—Con todo o meu corazón –dixo o papagaio–; mais que sexa unha sinecura se é posible, pois nó-los homes de enxeño témoslle noxo ó traballo.

Tomáronse os acordos de contado; o príncipe saíu a correr pola mesma porta que cruzara, chamou á curuxa para que baixase do burato da muralla e presentoulle o novo compañeiro de viaxe como un irmán na sabedoría, e todos xuntos arrancaron polo seu camiño.

Viaxaban ben mais de vagar do que lle acaía á paciencia do príncipe, mais o papagaio era afeito á vida regalada e non lle agradaba que o amolasen á mañá cedo. Por outra banda, a curuxa botaba a durmir ó mediodía, e perdían tempo a esgalla por mor das súas longas sestas. A súa afección polas antigüidades tamén entraba en xogo, pois a curuxa teimaba en pararen e pescudaren tódalas ruínas, e tiña ela contos e lendas a eito para contar sobre cada torre ou castelo vellos da bisbarra. O príncipe supuxera que ela e mailo papagaio, ó seren ámbolos dous paxaros estudiados, habían gorentar da mutua compañía, mais nunca estivera mais enganado. Estaban os dous de cote a rifar. Un era enxeñoso, a outra un filósofo. O papagaio recitaba poemas, era crítico coas doutrinas e libros novos e elocuente en pequenos puntos de erudición; a curuxa xulgaba todos eses coñecementos como cigalladas e só a gorentaba a metafísica. Daquela, o papagaio daba en cantar coplas e repetir agudezas e facer chufas sobre o seu solemne veciño, e ría desmedidamente do seu propio enxeño; tódolos cales comportamentos consideraba a curuxa grave ofensa para a súa dignidade, e amuábase, amusgábase, empoleirábase toda; e ficaba silandeira para o resto do día.

O príncipe non atendía ás quimeras dos seus compañeiros, ensumido conforme estaba nos soños da propia fantasía e mais na contemplación dos da súa propia e fermosa princesa. E deste xeito cruzaron esgrevios pasos da Serra Morena, atravesaron as chairas da Mancha e de Castela torradas polo sol, e viaxaron ó son das beiras do "Texo de ouro", que serpea cos seus meigos labirintos por unha metade de España e mais Portugal. Ó cabo, chegaron á vista dunha cidade afortalada con murallas e torres, construída sobre un altorelo apenedado, a volta da aba do cal se arremuiñaba o Texo con balbordante violencia.

—Ollade –estourou a curuxa– a vella e nomeada cidade de Toledo, vila famosa polas súas antigüidades. Ollade esas cúpulas e torres venerables, agrisadas polo tempo e vestidas con lendaria grandeza, nas que meditaron tantos devanceiros de meu.

–¡Bah! –berrou o papagaio, interrompendo o seu solemne arroubo de anticuario–. ¿El que imos facer coas antigüidades e as lendas e mailos vosos devanceiros? Ollade o que é máis acaído... ollade a morada da xuventude e da beleza... ollade ó cabo, oh príncipe, a morada da vosa princesa tanto tempo buscada.

O príncipe mirou na dirección sinalada polo papagaio e ollou nun delicioso e verde lameiro, nas ribeiras do Texo, un maxestoso palacio que sobranceaba entre o arboredo dun deleitoso xardín. Era mesmamente coma o lugar que a pomba describira como o orixinal do cadro. Fitouno príncipe co corazón a latexar. "¡Quizais neste momento", matinaba "a linda princesa está a brincar baixo esas ramalleiras sombrizas, ou mida con paso delicado aquelas solainas impoñentes, ou acougue so eses altísimos tellados!"

Conforme ollaba máis polo miúdo, reparou en que os valados do xardín eran de grande altura, como para couta-lo acceso, mentres que gardas armados, a eito, patrullaban ó seu redor.

O príncipe virou cara ó papagaio.

—¡Oh, a máis cumprida das aves –dixo–, ti que te-lo don da palabra humana! Vai lixeiro a aquel xardín, procura o ídolo da miña alma e dille que o príncipe Ahmed, un peregrino de amor guiado polas estrelas, arribou á súa procura nas floridas ribeiras do Texo.

O papagaio, orgulloso da súa embaixada, voou cara ó xardín, remontou por riba dos altos muros e, logo de pairar un anaco sobre prados e arboredos, pousou na solaina dun pavillón que daba ó río. Alí, mirando pola vidreira ollou a princesa encostada nun diván fitando un papel, mentres que lle escorregaban a modiño bágoas, unha tras da outra, polas súas bochechas pálidas.

Logo de upa-las ás un momento, axusta-la verde plumaxe e ergue-lo topete, o papagaio pousou beira dela con fasquía galana. Daquela, adondando o ton, dixo:

—Enxoita as túas bágoas, ¡ti a máis fermosa das princesas! Veño traer conforto ó teu corazón.

A princesa sobrecolleuse en oíndo a voz, mais, ó virar e non ver máis nada que un paxariño vestido de verde peneirándose e facendo reverencias diante dela, dixo:

—¡Ai! ¿El que conforto podes ti dar, vendo que es só un papagaio?

Ó papagaio amolouno a pregunta

—Teño consolado moitas donas fermosas, nos meus tempos –dixo–; pero morra o conto. Arestora veño como embaixador dun príncipe real. Sabe que Ahmed, o príncipe de Granada, chegou na túa procura, e xaora acampa nas floridas beiras do Texo.

Os ollos da princesa faiscaron, ante estas palabras, con lampexo aínda máis vivo có dos brillantes da súa diadema.

—¡Oh, o máis xentil dos paxaros! –berrou–; de certo gozosas son as túas novas, pois que estaba feble, cansa e doente case de morte coas dúbidas sobre a constancia de Ahmed. Bule a volver e cóntalle que as palabras da súa carta están cravadas no meu corazón e que a súa poesía foi a mantenza da miña alma. Dille, así e todo, que ten de prepararse para demostra-lo seu amor coa forza das armas; mañá é o meu décimo sétimo cabo de ano, cando o rei meu pai celebra un gran torneo. Varios príncipes entrarán na liza, e a miña man ha se-lo premio do vencedor.

O papagaio alzou o voo de novo e, escorregando polos soutos, retornou a onde o príncipe agardaba a súa volta. O arroubo de Ahmed ó acha-lo orixinal do seu adorado retrato, e atopalo bo e auténtico, só o poden concibir eses favorecidos mortais que tiveron a boa sorte de realiza-las quimeras e virar unha sombra en substancia de verdade. Non obstante, había unha cousa que deturpaba o seu enlevo: ese torneo inminente. De feito, as beiras do Texo estaban xa a escintilar coas armas e a ecoar coas trompetas dos diversos cabaleiros, que con orgullosos séquitos, caracoleaban impacientes en dirección a Toledo para asistir ó cerimonial. A mesma estrela que rexera no fado do príncipe gobernara o da princesa, e deica o seu décimo sétimo cabodano estivera ela illada do mundo, para gardala da tenra paixón de amor. Con todo, a sona dos seus encantos fora realzada máis ca escurecida por esta reclusión. Varios príncipes poderosos contenderan pola súa man, e o pai dela, que era un rei de astucia abraiante, para evitar facerse inimigos ó que amosase a súa parcialidade, remitira os contendentes ao arbitrio das armas. Entre os candidatos rivais había algúns nomeados pola súa forza e habelencia. ¡El que transo para o malpocado Ahmed, falto conforme estaba de armas e inexperto nos exercicios da cabalaría!

—¡Malfadado príncipe que eu son –exclamou–, sendo educado no illamento baixo a garda dun filósofo! ¿El de que proveito son a álxebra e maila filosofía en asuntos de amor? ¡Ai, Eben Bonabben! ¿Por que descoidaches instruírme no manexo das armas?

Nisto, a curuxa crebou o silencio, preludiando a súa arenga cunha exclamación piadosa, pois que era un devoto musulmán.

¡Allah Akbar! ¡Deus é grande! –berrou–. ¡Nas mans del están os segredos todos das cousas! ¡El só goberna o fado dos príncipes! Sabede, oh príncipe, que esta terra está chea de misterios, agachados de todos, menos daqueles que coma min poden tentear no coñecemento na mesma escuridade. Sabede que nas montañas veciñas hai unha furna, e nesa furna hai unha mesa de ferro, e riba desa mesa pousa unha armadura máxica, e á beira dela un corcel enmeigado que leva alí choído dende hai moitas xeracións.

O príncipe regalou os ollos, mentres que a curuxa, achegando os seus redondos e enormes e ourizando os cornos de plumas, continuou:

—Hai ben anos, acompañaba ó meu pai por estes lugares nunha viaxe polos seus eidos, e pousamos nesa furna, e desa maneira cheguei a me decatar do misterio. É tradición na nosa familia, que lle teño escoitado a meu avó, cando eu era só unha curuxiña ben pequena, que esa armadura pertenceu a un mago mouro que se goreceu nesa gruta en que os cristiáns conquistaron Toledo, e morreu aquí, deixando o corcel e mailas armas so un esconxuro místico, consonte o cal só pode usalos un musulmán, e aínda ese só do abrente ó mediodía. E nese entanto, calquera que os usar ha de abater a tódolos contendentes.

—Abonda ¡procuremos esa gruta! –exclamou Ahmed.

Guiado polo seu lendario mentor, o príncipe achou a furna, situada nun dos máis ásperos requeixos dos escarpados rochedos que se erguen arredor de Toledo; ningún, de non te-la mirada surrateira dunha curuxa ou dun anticuario, sería quen de descubri-la entrada. Unha lámpada sepulcral de aceite duradeiro espallaba unha luz solemne por aquel lugar. En riba dunha mesa de ferro posta no medio da furna pousaba a armadura máxica; contra dela arrimábase a lanza, e á beira ficaba un corcel árabe, engaldrapado para o combate, mais inmóbil coma unha estatua. A armadura estaba brillante e limpa, conforme refulxira nos días de antano; o corcel, en tan bo estado coma acabando de vir de pacer; e en que Ahmed lle pousou a man no pescozo, gapeou e ceibou un rincho abouxante de relouco que abalou os muros da furna. Deste xeito, fornecido con abastanza de "cabalo para montar e armas para levar", o príncipe determinou baixar ó terreo no torneo inminente.

Chegou a mañá da sorte. A estacada para o combate estaba disposta na Veiga, xusto embaixo das murallas penedías de Toledo, onde sobranceaban estrados e galerías para os espectadores, cubertos de tapetes ricos e defendidos do sol por toldos de seda. Tódalas belezas do país xuntáranse nesas galerías, e mentres que embaixo caracoleaban cabaleiros empenechados cos seus paxes e escudeiros, entre os cales figuraban nomeadamente os príncipes que ían contender no torneo. Tódalas belezas da bisbarra, non obstante, víronse eclipsadas cando a princesa Aldegunda apareceu no pavillón real e, pola vez primeira, abrollou diante a ollada admirativa do mundo. Un murmurio de marabilla percorreu a multitude perante a súa superior fermosura, e os príncipes que eran candidatos á man dela só pola fe na sona dos seus encantos agora sentiron dez veces máis fogaxe para a loita.

A princesa, emporiso, tiña fasquía de mágoa. A cor víñalle e marcháballe das meixelas, e a ollada vagabundeaba, con expresión desacougada e insatisfeita, sobre o tropel de empenechados cabaleiros. Estaban as trompetas a piques de soar para o encontro, cando o arauto anunciou a vinda dun cabaleiro estranxeiro, e Ahmed cabalgou polo terreo. El levaba, riba do turbante, un helmo de aceiro chatolado de xemas rosas; a coiraza, recamada de ouro; e a cimitarra e maila daga eran feitas en Fez e lampexaban coas pedras preciosas. Tiña un broquel por riba do lombo, e na man a lanza de encantada virtude. O aparello do seu corcel árabe estaba ricamente broslado e varría o chan, e o orgulloso animal caracoleaba e bebía o ar polas ventas, e rinchaba co relouco en ollando, máis unha vez, a disposición e os preparativos das armas. O xeito baril e gracioso do príncipe bateu en tódalas miradas, e cando anunciaron o alcume co que concorría, "O peregrino de amor", un balbordo e axitación universais reinaron entre as lindas damas das galerías.

Non obstante, cando Ahmed se presentou na liza achou que estaba pechada para el: só os príncipes –díxoselle– eran admitidos á contenda. Declarou o seu nome e mailo seu rango. ¡Peor aínda!... Era muslime e non podía entrar nun torneo no que a man dunha princesa cristiá era o premio.

Rodeárono os príncipes rivais con fasquías altivas e ameazantes; e un de maneiras insolentes e contextura hercúlea fixo aceno de chufa diante o seu xeito lanzal e xuvenil, e mofouse do seu amoroso nome de batalla. O príncipe alporizouse. Desafiou a combate ó seu rival. Colleron distancia, deron pulo e cargaron; e, no primeiro toque da lanza máxica, o repoludo chufante foi derrubado da sela. O príncipe, logo disto, tería parado, ¡mais ai! Tiña el que se arranxar cun cabalo e cunha armadura posuídas do demo... unha vez en acción nada os podía coutar. O corcel árabe cargou contra o máis mesto do tropel; a lanza envorcaba todo canto se puña por diante; o xentil príncipe foi levado en torbeliño por toda a estacada, batendo ó chou en grandes e pequenos, fidalgos e viláns, magoándose el das súas proezas involuntarias. O rei encarraxaba e rabiaba diante da aldraxe feita ós seus súbditos e convidados. Mandou que saísen tódolos seus gardas... que foron descabalgados nada máis toparen con aquel. O rei quitou os seus mantos, apañou lanza e rodela, e cabalgou veloz para aglaia-lo estranxeiro coa presencia da maxestade mesma. ¡Ai! A maxestade non correu mellor sorte có vulgo... O corcel e maila lanza non respectaban a xerarquía das persoas; para a coita de Ahmed, viuse arrebolado de cheo contra o rei, e nun intre os talóns rexios estiveron no ar e a coroa a rolar no po.

Neste momento, o sol acadaba o mediodía; o máxico esconxuro recobrou o seu poder. O corcel árabe cruzou a chaira, brincou por riba do valado, mergullou no Texo, nadando contra a súa corrente enrabecida, e levou o príncipe estantío e sen folgos ata a furna, e alí retomou o seu posto de estatua a carón da mesa de ferro. O príncipe desmontou ben ledo, e colocou outravolta a armadura no seu sitio para se avir cos ulteriores decretos do fado. Daquela, sentando el propio na gruta, cismou na situación desesperada á que o corcel e maila armadura demoníacos o reduciran. Nunca había el ousar presentarse en Toledo logo de ter inflixido semellante ignominia ós seus cabaleiros e semellante afronta ó seu rei. Ademais, ¿el que pensaría a princesa de tan groseira e arroutada actuación? Cheo de inquedanza, despachou axiña os seus mensaxeiros alados para recadaren novas. O papagaio visitou tódolos lugares públicos e puntos de reunión concorridos que había na cidade, e volveu de contado cun mundo de rexoubas. Todo Toledo estaba consternado. Á princesa levárona ó palacio logo de ela perde-lo acordo; a xusta rematara na confusión; todos andaban a falar da aparición súpeta, fazañas prodixiosas e estraña desaparición do cabaleiro muslime. Algúns xulgábano un mago mouro, outros coidaban que era un demo que collera fasquía humana, outros referían tradicións lendarias de guerreiros enmeigados, agachados nas grutas das montañas, e pensaban que se podía tratar dun deses que tivese feito unha irrupción súpeta do seu tobo. Todos cadraban conformes en que mortal ningún simple e vulgar podía ter obrado marabillas semellantes nin descabalgado tan cumpridos e afoutos cabaleiros cristiáns.

A curuxa buliu a voar á noite, e pairou pola cidade ás escuras, pousando nos tellados e nas chemineas. Logo rolou deica o palacio real, que ficaba no penedoso curuto de Toledo, e andou á espreita polas solainas e mailas ameas, guichando por tódalas gretas e faiscando cos seus grandes ollos regalados en cada fiestra onde houbese unha luz, conseguindo provocar ataques de nervios a dúas ou tres donas de honra. Non foi ata que a alba grisalla principiase a soerguer tras das montañas cando a curuxa retornou da súa expedición arrateada, e lle contou ó príncipe o que vira.

—Conforme esculcaba por unha das torres máis altas do palacio –dixo– vin por unha vidreira unha bela princesa. Estaba encostada nun sofá, con criados e médicos en volta súa, mais non quería ningún dos seus coidados e confortos. En que eles se retiraron, vina tirar unha carta fóra do seo, e logo lela e bicala, e ceibar laios a balbordo; ante o cal, filósofa conforme eu son, non puiden coutar abalarme abondo.

O tenro corazón de Ahmed foi magoado por estas novas.

—Eran certas de máis as túas palabras, oh sabio Eben Bonabben –exclamou–. Ansias e mágoas, e noites sen sono, son a sorte dos namorados. Alah defenda a princesa do pestilente influxo desa cousa chamada amor.

Ulteriores informacións de Toledo corroboraron o relatorio da curuxa. A vila era presa da alarma e o desacougo. Conduciron a princesa á torre máis alta do palacio, vixiaron abondo tódolos accesos. No entanto, unha melancolía devoradora prendera nela, da cal ninguén podía adiviña-la causa. Recusaba a mantenza e viraba os oídos moucos a tódolos consolos. Os físicos máis destros ensaiaran a súa arte en van; pensouse que practicaran nela algún esconxuro máxico, e o rei fixo unha proclama declarando que calquera que acertase a curala había recibi-la alfaia máis rica do tesouro rexio.

En que a curuxa, que adormentaba nun curruncho, soubo desta proclama, revirou os seus ollos grandes e semellou máis misteriosa ca nunca.

—¿El que queredes dicir, moi reverenda curuxa? –preguntoulle Ahmed.

—Escoitade, oh príncipe, o que vou referir. Nó-las curuxas, conforme debedes saber, somos un corpo erudito e moi dado a pescudar no escuro e poeirento. Durante a miña recente espreita nocturna polos torreóns e ciborios de Toledo, descubrín un gremio de mouchos anticuarios, que teñen as súas xuntanzas nunha gran torre abovedada onde o tesouro rexio está atullado. Velos alí estaban a discutir sobre das formas, inscricións e bosquexos de xemas e alfaias antigas, e de vasillas de ouro e mais de prata, amontoadas na tesourería, verbo do xeito de cada país e idade; mais por riba de todo estaban interesados en certas reliquias e talismáns que ficaron no tesouro dende o tempo de Rodrigo o Godo. Estaba entre estes unha arca de pao de sándalo asegurada con bandas de aceiro de feitura oriental e gravada con caracteres místicos coñecidos só duns poucos eruditos. Esta arca e maila súa inscrición levaban ocupado ó gremio durante varias sesións, e foran causa de moi grave e longa disputa. No tempo da miña visita, unha curuxa moi vella que acababa de chegar de Exipto sentaba na tapa do cofre a disertar verbo da inscrición, e quedou demostrado que a arca contiña o tapete de seda do trono de Salomón o Sabio, que sen dúbida fora traído a Toledo polos xudeus acubillados alí despois da caída de Xerusalén.

En que a curuxa finou a súa arenga anticuaria, o príncipe quedou por un cacho mergullado nas súas cavilacións.

—Eu teño oído –dixo–, do sabio Eben Bonabben, das marabillosas propiedades dese talismán que desapareceu na caída de Xerusalén e sempre se tivo por perdido para a Humanidade. Sen dúbida segue a ser un misterio impenetrable para os cristiáns de Toledo. De eu consegui-la posesión desa alcatifa, a miña estrela é segura.

No día seguinte, o príncipe desbotou o seu rico adobío e traxeouse co humilde indumento dun árabe do deserto. Tinxiu a pel de cor acastañada, e ninguén recoñecería nel o magnífico guerreiro que causara tanta admiración e desazo no torneo. Co caxato na man, fardel ó lombo e mais un pequeno chifro pastoril, encamiñouse a Toledo e, en presentándose na porta do palacio real, anunciouse como pretendente á recompensa ofrecida pola curación da princesa. Os gardas querían escorrentalo a empurróns e losqueadas.

—¿El que intenta facer un vagabundo árabe coma ti –dixéronlle– nun caso onde levan fracasado os máis estudiados do país?

O rei, non obstante, oíu o balbordo por un casual e mandou que levasen o árabe á súa presencia.

—Moi poderoso rei –dixo Ahmed–, tedes na vosa presencia un árabe beduíno, que gastou a meirande parte da vida nas soidades do ermo. Esas soidades, é ben sabido, son os cubís de demos e espíritos malignos que nos abouran, a nós pobres pastores, na nosas solitarias espreitas, entran no noso gando e apodéranse dos nosos rabaños e laradas, e ás veces tornan furioso mesmo o paciente camelo; contra eles o noso antiesconxuro é a música, e temos melodías tradicionais que pasan de xeración en xeración, que cantamos e tocamos na chirimía para deitar fóra eses espíritos malignos. Eu son dunha liñaxe dotada con ese talento, e posúoo no seu máis alto grao. Pois de ser algún influxo maligno desa caste o que mantén o meigallo na túa filla, eu respondo coa miña cabeza de a ceibar do seu imperio.

O rei, que era un home de siso e coñecía os segredos marabillosos que posuían os árabes, encheuse de esperanza ante o falar confiado do príncipe. Levouno dereito á altísima torre, asegurada e defendida por varias portas, no curuto da cal estaba a cámara da princesa. As fiestras abrían sobre unha solaina con balaústres, dominando unha vista de Toledo e máis de toda a bisbarra de arredor. As ventás estaban amourecidas, pois a princesa xacía dentro presa dunha mágoa devoradora que rexeitaba todo conforto.

O príncipe sentou na solaina e interpretou varias turbulentas cancións árabes co seu chifro pastoril, que aprendera dos seus criados no Xeneralife de Granada. A princesa ficou insensible, e os doutores presentes abanearon a cabeza e sorriron con incredulidade e desprezo. Ó cabo, o príncipe arrecantou a chirimía e nunha melodía sinxela cantou os versos amatorios da carta na que lle el declarara a súa paixón.

A princesa recoñeceu os compases; un abalo de ledicia arrouboulle o corazón, ergueu a cabeza e escoitou; abrollaron nos seus ollos as bágoas e esvarábanlle polas fazulas, o seu peito arfaba cun balbordo de emocións. Quixera ela preguntar polo trobeiro para o levaren á súa presencia, mais o seu recato de virxe mantívoa en silencio. Leu o rei nos seus desexos e, por orde súa, Ahmed foi introducido na cámara. Os namorados foron discretos; pois só trocaron olladas, aínda que esas miradas falaban por libros enteiros. Nunca foi máis completo o triunfo da música. O roibén volvera ás dondas fazulas da princesa, a louzanía ós beizos, e a luz de alxofre ós seus ollos lánguidos.

Tódolos médicos presentes mirábanse estantíos. O rei miou para o trobeiro árabe con admiración mesturada de aglaio medoño.

—Marabilloso rapaz –dixo–, ti has ser de agora en diante o primeiro físico da miña corte, e non hei aceptar outra receita cá túa melodía. Polo de agora recibe a recompensa, a alfaia máis preciosa do meu tesouro.

—Oh rei –respondeu Ahmed–, non teño ansia pola prata, o ouro nin as pedras preciosas. Tes unha reliquia no teu tesouro, herdada dos musulmáns que nalgún tempo foron donos de Toledo... unha arqueta de pao de sándalo que contén unha alcatifa de seda. Dáme esa arqueta e eu cadro conforme.

Abraiaron tódolos presentes ante a moderación do árabe, e máis aínda cando a arca de pao de sándalo foi traída e a alcatifa tirada para fóra. Era de requintada seda verde, cuberta de caracteres hebreos e caldeos. Os físicos da corte olláronse entre si, encolleron os ombreiros e sorriron ante a simpleza deste novo albeite que se daba por satisfeito e contente cun estipendio tan cativo.

—Este tapete –dixo o príncipe– cubriu nalgún tempo o trono de Salomón o Sabio; el é digno de ser colocado baixo os pés da beleza.

El dicindo deste xeito, estendeuno na solaina so unha otomana que trouxeron para a princesa, sentando logo el mesmo ós pés da rapariga.

—¿El quen ha de atravanca-lo que está escrito no libro do destino? Ollade a predicción dos astrólogos comprobada. Sabede, oh rei, que a vosa filla e mais eu amámonos dende hai ben tempo en secreto. ¡Ollade en min o peregrino de amor!

Non ben saíran estas palabras dos seus beizos cando o tapete ascendeu no ar levando consigo o príncipe e maila princesa. O rei e os médicos fitárono e seguírono coas bocas abertas e os ollos tensos, ata el virar nunha maculiña sobre o fondo albo dunha nube e logo desaparecer na bóveda azul do ceo.

Alporizado, o rei convocou ó seu tesoureiro

—¿El como é –dixo– que consentistes que un infiel se faga amo de semellante talismán?

—Ai, señor, non sabiamos da virtude do tapete nin puidemos descifra-la inscrición da arca. De el ser de certo o tapete do trono do Sabio Salomón, está posuído de poder máxico e pode traslada-lo seu dono dun sitio a outro polo ar.

O rei xuntou un poderoso exército e escachou a correr para Granada en persecución dos fuxitivos. A marcha foi longa e mais fatigosa. Acampou na Vega, e enviou un arauto para demanda-la restitución da súa filla. O rei mouro acudiu en persoa, con toda a corte, ó seu encontro. No rei mouro coñeceu o de Toledo ó trobeiro, pois Ahmed sucedera no trono de Granada canda a morte do seu pai, e a fermosa Aldegunda era a súa sultana.

O rei cristián sosegou doadamente en que achou que á súa filla permitíanlle continuar na súa fe. No canto de batallas sanguentas, houbo unha chea de banquetes e agasallos despois da cal o rei volveu moi compracido a Toledo, e a parella nova continuou a reinar, tan ditosa como sabiamente, na Alhambra.

É acaído engadir que a curuxa e mailo papagaio seguiran ó príncipe, por cadanseu camiño, en cómodas xornadas; a primeira vixiando de noite e facendo pousada nas diversas posesións hereditarias da familia; o último fachendeando nos círculos mundanos de tódalas vilas e cidades da súa rota.

Ahmed recompensou con agradecemento os servicios que ámbolos dous lle prestaran na peregrinaxe. Nomeou a curuxa primeiro ministro, o papagaio mestre de cerimonias. E é escusado dicirmos que nunca foi administrado un reino con máis sabedoría, nin unha corte levada con etiqueta máis estricta.

 

III

LENDA DO ASTRÓLOGO ÁRABE

No tempo dos devanceiros, hai ben centos de anos, había un rei mouro chamado Aben Habuz que reinaba no trono de Granada. Era un conquistador retirado, que é falar de alguén que, tendo levado nos seus días máis mozos unha vida de constantes correrías e estragos, agora que virara feble e revellido "devecía polo acougo" e non arelaba máis nada que vivir en paz co mundo enteiro, gorenta-los seus triunfos e gozar con sosego das posesións que rapinara ó seus veciños.

Pois aconteceu, non obstante, que este moi asisado e pacífico monarca vello tiña rivais novos con quen tratar, príncipes cheos desa paixón temperá pola gloria e o combate, e que estaban dispostos a lle pedir contas dos excesos que correra contra os seus pais. Algunhas comarcas afastadas, dentro do seu propio reino, que mentres durou o seu vigor, tratara con man airada, eran tamén propensas, agora que devecía polo acougo, a se alzaren en rebelión, e ameazaban con asedialo na súa capital. De maneira que tiña inimigos por xalundes, e como Granada ten ó seu redor montañas ásperas e esgrevias que agachan a aproximación dun inimigo calquera, o malpocado Aben Habuz ficaba nun estado de vixilancia e alarma constantes, sen saber de que banda podían estoura-las hostilidades.

Foi inútil construír atalaias nas montañas e colocar sentinelas en tódolos pasos, coa orde de faceren lumaradas á noite e fumaredas de día ante o achegamento dun inimigo calquera. Os seus aleutos inimigos, esbandallando todas estas precaucións, irrompían inopinadamente dende algunha portela descoñecida, arrasábanlle as terras baixo o propio bico e despois liscaban para as montañas cos prisioneiros e mailo botín ripados. ¿El estivo algunha vez un conquistador pacífico e retirado nunha situación máis enfadosa?

Mentres Aben Habuz era abourado por estes enleos e amoladelas, un médico árabe moi vello chegou á súa corte. Baixáballe a barba cana ata a cinta, e tiña tódolos sinais da idade moi avanzada, aínda que fixera a andar case que todo o camiño dende Exipto, con ningunha outra axuda máis que un bordón gravado con xeroglíficos. A súa sona fora por diante del. O seu nome era Ibrahim Ebn Abu Aiub; e disque xa vivía dende os días de Mahoma e que era o fillo de Abu Aiub, o derradeiro dos compañeiros do profeta. Seguira, canda neno, o exército de Amru que entrou a conquistar Exipto, onde Ibrahim ficara moitos anos a estudiar nas ciencias ocultas e, en particular, a maxia entre os sacerdotes exipcios.

Tamén dicían, alén diso, que achara o segredo para alonga-la vida, mediante o cal acadara o home a delongada idade de máis de dous séculos, aínda que, como non achou o segredo ata estar ben magoado polos anos, só puido conserva-lo cabelo agrisado e mailas engurras.

Este ancián marabilloso foi agasallado con tódalas honras polo rei, que, coma os máis dos monarcas idosos, comezaba a trata-los médicos con moito favor. Teríalle asignado apousentos no palacio, mais o astrólogo quixo mellor unha gruta na aba do outeiro que sobrancea a cidade de Granada; sendo o propio onde logo foi construída a Alhambra. Fixo alarga-la furna ata formar un salón amplo e de alto teito, abrindo un burato circular no seu cumio, a través do cal, como por un pozo, podía el ve-lo ceo e olla-las estrelas inda no mediodía. As paredes deste salón foron cubertas de xeroglíficos exipcios, símbolos cabalísticos, e mais coas figuras das estrelas nas súas constelacións. Abastou esta sala con moitos trebellos, feitos coas súas instruccións por habelenciosos artífices de Granada, mais de secretas propiedades só por el coñecidas.

Nun anaquiño, o sabio Ibrahim virou no conselleiro íntimo do rei, que acudía onda el para asesoralo en tódolos apuros. Unha vez, Aben Habuz deostaba a inxustiza dos seus veciños, e estaba a se laiar da vixilancia sen acougo que tiña de observar para se gardar das súas invasións. En que rematou, o astrólogo ficou silandeiro un momento e daquela respondeu:

—Sabede, oh rei, que cando eu estiven en Exipto, ollei unha grande marabilla, ideada por unha sacerdotisa pagá de vello. Nunha montaña ergueita sobre a cidade de Borsa e que sobrancea o gran val do Nilo había unha figura de carneiro e, riba dela, a dun galo, ámbalas dúas de latón fundido, que viraban sobre dun eixo. Sempre que o país era ameazado de invasión, o carneiro xiraba na dirección do inimigo e o galo cantaba; por cousa disto os habitantes da cidade sabían do perigo e mais do sitio dende o que se acaroaba, e podían tomar a conxeito as medidas para se gardaren del.

—¡Deus é grande! –berrou o pacífico Aben Habuz–. ¡E que tesouro había ser un carneiro así para axexar sobre estas montañas do meu redor, e logo un galo coma ese para cantar no tempo de perigo! ¡Allah Akbar! ¡Como eu podería durmir seguro no meu palacio con tales sentinelas no curuto!

O astrólogo agardou que acalmasen os enlevos do rei, e logo proseguiu:

—Despois de o victorioso Amru (¡que en paz descanse!) acabou a conquista de Exipto, permanecín entre os antigos sacerdotes do país, a estudiar nos ritos e cerimonias da súa fe idólatra, e a procurar facerme eu propio mestre do saber oculto polo que eles son célebres. Sentaba eu un día nas beiras do Nilo, a parolar cun sacerdote ancián, cando el acenou cara ás inxentes pirámides que se erguen coma montañas no deserto veciño. "Todo canto podemos aprenderche", dixo, "non é nada en comparanza co saber choído nesas moles inxentes. No medio da pirámide central hai unha cámara sepulcral, na que está pechada a momia do Sumo Sacerdote que axudou a erguer esa mole estupenda, e onda el está soterrado un marabilloso libro de sabedoría que contén tódolos segredos da maxia e mais da arte. Este libro foille dado a Adán despois da súa caída, e foi pasando de xeración en xeración ata o rei Salomón O Sabio, quen coa súa axuda construíu o templo de Xerusalén. Como o libro chegou á posesión dos constructores das pirámides só o sabe Aquel que coñece tódalas cousas."

»Ó que oín estas verbas do sacerdote exipcio, o meu corazón ardeu coa arela de acada-la posesión dese libro. Podía eu dispor dos servicios de moitos dos soldados do noso exército conquistador e dun bo número de nativos de Exipto, cos que me puxen a traballar e furar na sólida masa da pirámide, ata que, logo de moito labor e angueiras vin dar cun dos corredores ocultos do seu interior. Seguindo por el ata o cabo e avanzando dificilmente por un labirinto medoñento, penetrei no mesmo corazón da pirámide, ata a propia cámara sepulcral onde a momia do Gran Sacerdote xacera durante idades. Crebei as caixas exteriores da momia, desenvolvín as súas moitas faixas e vendas, e, ó cabo, achei o precioso volume no seu peito. Apreixeino con man tremente e andei ás apalpadas o meu camiño para saír da pirámide, deixando a momia nas tebras e o silencio do seu sartego, a agardar alí o día posterior da resurrección e mailo xuízo.

—Fillo de Abu Aiub –exclamou Aben Habuz–, fuches un gran viaxeiro e levas visto cousas marabillosas, mais ¿de que me vale a min o segredo da pirámide e mailo libro da sabedoría do sabio Salomón?

—Aquí o tes, ¡oh rei! Polo estudio dese libro son instruído en tódalas artes máxicas, e podo demanda-lo acordo dos xenios para cumpri-los meus planos. O misterio do talismán de Borsa é familiar para min, e podo eu facer un talismán semellante, mellor dito, un de maiores virtudes.

—¡Oh sabio fillo de Abu Aiub! –berrou Aben Habuz–. Mellor fose semellante talismán ca tódalas atalaias nos outeiros e as sentinelas nos confíns. Dáme unha salvagarda desa caste, e as riquezas do meu tesouro están ó teu dispor.

O astrólogo púxose a traballar arreo para satisface-los desexos do monarca. Fixo erguer unha gran torre no curuto do palacio real, situado no cumio do outeiro do Albaicín. A torre foi feita con pedras traídas de Exipto e collidas, seica, dunha das pirámides. Na parte de arriba da torre había unha rotonda con fiestras que miraban ós catro puntos do compás, e diante das fiestras había cadansúa mesa, na que estaba disposto coma nun taboleiro de xadrez un exército finxido de a cabalo e mais de a pé, coa efixie, tallada en pao, do potentado que rexía nesa dirección da compás. E cada mesa había tamén unha lanza pequena, non meirande ca unha agulla, na que estaban gravados certos caracteres caldeos. Esta rotonda mantíñase sempre pechada por unha porta de bronce cunha gran pechadura de aceiro, a chave da cal estaba en posesión do rei.

No curuto da torre había a figura de bronce dun cabaleiro mouro, asegurado sobre un eixo, co escudo nun brazo e a lanza ergueita perpendicularmente.

A faciana deste xinete estaba cara á cidade, como a espreitar nela, mais se algún inimigo estivese ó acado, a figura viraba nesa dirección e abaixaba a lanza como para entrar en acción.

En que concluíu este talismán, Aben Habuz estaba todo impaciente por proba-las súas virtudes e devecía con tanto ardor por unha invasión como noutrora suspiraba polo acougo. A súa arela axiña foi cumprida. Unha mañá cedo, a sentinela destinada a garda-la torre, trouxo novas de a faciana do cabaleiro de bronce estar virada para as montañas de Elvira, e de a súa lanza apuntar directamente contra o paso de Lope.

—¡Que os tambores e trompetas chamen a rebato e que toda Granada se poña en estado de alerta! –dixo Aben Habuz.

—Oh rei –dixo o astrólogo–; non desacouguéde-la vosa cidade nin chamedes ás armas os vosos guerreiros; non nos cómpre acorro ningún da forza para vos librar dos vosos inimigos. Despedide os vosos criados e sigamos sos ata a sala secreta da torre.

O ancián Aben Habuz subiu a esqueira da torre, amparándose no brazo do aínda máis vello Ibrahim Ebn Abu Aiub.

Desfecharon a porta de bronce e entraron. A xanela que daba ó paso de Lope estaba aberta.

—Nesa dirección –dixo o astrólogo– anda o perigo. Achegádevos, oh rei, e ollade o misterio da mesa.

O rei Aben Habuz achegouse ó aparente taboleiro de xadrez, no que estaban dispostas as figuriñas de pao, cando para a súa sorpresa advertiu que elas todas estaban en movemento. Os cabalos apinábanse e corcovaban, os guerreiros brandían as súas armas, e había un difuso balbor de tambores e claríns e mais do bater das armas e o rinchar dos corceis; mais todo non máis alto nin claro do que o zunir da abella ou da mosca de verán na orella de quen descansa adurmiñado á sombra, na calor do mediodía.

—Oh rei –dixo o astrólogo–, ei-la proba de os teus inimigos estaren xaora no campo. Deben estar a avanzar, a través daquelas montañas de acolá, polo paso de Lope. De quererdes produci-lo pánico e maila confusión entre eles, e facelos retirar sen perda de vidas, bourade nesas efixies co cabo desta lanza máxica; mais de lle quererdes causar liorta sanguenta e matanza, batede nelas coa punta.

Unha refolada lívida cruzou polo rostro de Aben Habuz; apreixou a finxida lanza de xoguete con ansia tremente e cambaleou cara á mesa, a barba grisalla a abanear de cacarexante exultación:

—¡Fillo de Abu Aiub –exclamou–, paréceme que habemos ter un pouco de sangue!

Dicindo deste xeito, espetou a lanza máxica nalgunhas das efixies pigmeas e mallou noutras co cabo, sobre das cales caeron as primeiras no taboleiro, e o resto reviráronse unhas contra as outras, principiando ás toas unha loita desbaratada e confusa.

Tivo dificultade o astrólogo para couta-la man do máis pacífico dos monarcas e impedirlle exterminar por enteiro ós seus inimigos; a poder do tempo, convenceuno de abandonaren a torre, para que enviase exploradores ás montañas de onda o paso de Lope.

Volveron estes coas novas de un exército cristián ter avanzado polo corazón da serra, case que á vista de Granada; e daquela estourara unha desavinza nas tropas: viraran as armas uns contra os outros, e logo de gran mortaldade, retiraran para a outra banda da raia.

Aben Habuz foi transportado de xúbilo ó ter deste xeito a proba da eficacia do talismán.

Ó cabo –dixo– levarei unha vida sosegada e terei tódolos meus inimigos no meu poder. Oh sabio fillo de Abu Aiub, ¿el que che eu podo a ti outorgar en pagamento de semellante benzón?

—O que lle cómpre a un vello e a un filósofo, oh rei, é pouco e simple; concedédeme tan só os medios para troca-la miña gruta nunha ermida axeitada, e eu son contento.

—¡Como é nobre a temperanza do verdadeiro sabio! –berrou Aben Habuz, secretamente compracido da baratura da recompensa. Chamou ó seu tesoureiro e mandoulle despachar calquera suma de diñeiro que fose requirida por Ibrahim para rematar e fornece-la súa ermida.

O astrólogo deu entón ordes para que houbese varias cámaras furadas na peneda maciza, para formaren rengues de apousentos unidos co seu salón astrolóxico; mandou tamén que os amoblasen con luxosas otomanas e mais diváns, e que das paredes pendurasen as máis ricas sedas de Damasco.

—Xa son un vello –dixo–, e non podo seguir a repousa-los meus ósos en leitos de pedra, e estas paredes molladas queren ser cubertas.

Tamén mandara facer baños e fornecéraos con toda caste de perfumes e aceites aromáticos.

—Pois cómpre –dicía– un baño para contrarresta-la rixidez dos anos e para restaura-la frescura e flexibilidade na mente e mais no corpo murchos polo estudio.

Fixo o sabio pendurar nos cuartos innumerables lámpadas de prata e cristal que enchía cun óleo recendente preparado conforme unha receita descuberta por el nos túmulos exipcios. Este aceite era inextinguible de seu, e espallaba un resplandor velaíño coma a luz temperada do amencer.

—A luz do sol –dicía– é por de máis rechamante e violenta para os ollos dun vello, e a luz da lámpada é máis acaída para os estudios dun filósofo.

O tesoureiro do rei Aben Habuz rosmaba diante das sumas de diñeiro que se lle demandaban a cotío para o fornecemento deste ermitán, e levou as súas queixas perante o rei. A palabra rexia, non obstante, estaba dada; Aben Habuz encolleu os ombreiros.

—Teñamos paciencia –dixo–, este vello colleu a idea do seu retiro filosófico no interior das pirámides e mais nas largas ruínas de Exipto; mais tódalas cousas teñen un remate, e así cho ha te-lo arranxo da súa gruta.

O rei estaba no certo; a ermida estivo por fin acabada, e rematou nun suntuoso palacio soterraño.

—Agora estou satisfeito –díxolle Ibrahim Ebn Abu Aiub ao tesoureiro–. Heime pechar na miña cela e dedica-lo meu tempo ó estudio. Non desexo cousa máis, nada fóra dun insignificante vagar para me distraer nos intervalos do meu labor mental.

—Oh sabio Ibrahim, pide o que queiras; estou obrigado a te prover de canto che cumpra na túa soidade.

—Daquela, había ter de boa gana unhas poucas danzarinas –dixo o filósofo.

—¡Danzarinas! –repetiu a ecoar o sorprendido tesoureiro.

—Danzarinas –replicou o sabio con gravidade–. Cunhas poucas ha chegar, pois eu son un vello filósofo de costumes sinxelos e bo de contentar. Que sexan elas, así e todo, novas e bonitas de mirar, pois a vista da xuventude é vigorizante para a vellez.

Pois mentres o filósofo Ibrahim Ebn Abu Aiub gastaba así de sabiamente o tempo na súa ermida, o pacífico Aben Habuz levaba adiante furiosas campañas con figuras na súa torre. Era cousa gloriosa para un vello de hábitos sosegados coma el poder face-la guerra doada e no seu lecer, e te-la posibilidade de se distraer na súa cámara varrendo exércitos enteiros como quen torna enxames de moscas.

Por algún tempo reloucou sen medida na satisfacción dos seus caprichos, e mesmo se chufaba e insultaba ós seus veciños para os inducir a faceren incursións, mais estes pouco e pouco viraron cautos por mor das repetidas desfeitas; ata ningún se aventurar a invadi-los seus territorios. Dende había ben meses o cabaleiro de bronce ficaba estantío na postura de paz coa lanza ergueita no ar, e o digno e vello monarca principiou a magoar coa falla da súa acostumado distracción e virou amuado ante a súa tranquilidade monótona.

A poder de tempo, un día o talismánico xinete virou de repente, e abaixando a lanza sinalou en fite cara as montañas de Guadix. Aben Habuz buliu axiña deica a súa torre, pero a mesa máxica situada nesa dirección ficaba en repouso: nin un só guerreiro se mexía. Perplexo ante a circunstancia, mandou para aló un escuadrón de a cabalo a explora-las montañas e facer recoñecementos. Volveron logo de tres días de ausencia.

—Investigamos cantos pasos das montañas hai –dixeron–, mais sen vermos mexer helmo nin lanza ningúns. Todo o que atopamos como resultado da nosa correría foi unha doncela cristiá de beleza sobranceira, que durmía a sesta par dunha fonte, a quen levamos connosco prisioneira.

—¡Unha doncela de beleza sobranceira! –berrou Aben Habuz, cos ollos a escintilar de entusiasmo–. Traédea á miña presencia.

A fermosa doncela foi, deste xeito, levada á súa presencia. Ía ela adobiada con todo o luxo e ornato que prevaleceran entre os godos españois no tempo da conquista árabe. Perlas de albura ofuscante brillaban entretecidas coas súas trenzas cor de acibeche, e na súa fronte lampexaban xoias que contendían co fulgor dos seus ollos. En volta do colo levaba unha cadea de ouro, da que pendía unha lira de prata que penceaba onda o seu costado.

Os lóstregos dos seus ollos faiscantes eran coma muxicas de lume a caeren no murcho, aínda que inflamable, corazón de Aben Habuz; a ondeante voluptuosidade do seu andar fíxolle atariña-los sentidos.

—¡Ti, a máis fermosa das mulleres! –exclamou arroubado– ¿Quen e que es ti?

—A filla dun dos príncipes godos que aínda hai ben pouco rexeu nesta terra. Os exércitos do meu pai foron destruídos, como por maxia, entre estas montañas; foi obrigado a se exiliar, e a súa filla é unha prisioneira.

—¡Ó xeito, oh rei! –cochichou Ibrahim Ebn Abu Aiub–. Esta pódevos ser unha desas meigas do norte das que temos oído falar, que collen as formas máis cativantes para engaiolar ós incautos. Paréceme ler bruxedo nos seus ollos, e meiguería en cada movemento. Velaquí, sen dúbida, o inimigo sinalado polo talismán.

Fillo de Abu Aiub –retrucou o rei–, ti es un sabio, concédocho, un mago, que eu saiba, mais es pouco versado en cousa de mulleres. E nese coñecemento non hei de ceder ante home ningún, non, nin ante o propio Sabio Salomón, non obstante o número das súas donas e mancebas. Verbo desta doncela, non vexo nela mal ningún; é linda de mirar e acha favor ós meus ollos.

—¡Escoita, oh rei! –retrucou o astrólogo–. Téñoche eu dado moitas victorias por medio do meu talismán, mais nunca participei do botín. Dáme, pois, esta cativa perdida para gorentar na miña soidade coa súa lira de prata. De ela ser en verdade unha meiga, teño eu antiesconxuros capaces de desafiaren os seus engados.

—¡Como! ¡Máis mulleres! –berrou Aben Habuz–. ¿El non tes xa danzarinas abondo para te satisfacer?

—Danzarinas teño, é certo, mais non cantadeiras. Había eu ter de boa gana un pouco de xograría, para reface-lo meu espírito ó que abafa coas angueiras do estudio.

—Unha tregua nas vosas arelas de ermitán –dixo o rei con impaciencia–. Esta doncela téñoa sinalada para min. Vexo nela moito lecer, mesmo tanto coma o que David, o pai de Salomón o Sabio, achou na compaña de Abishag a Sunamita.

Ulteriores rogos e alegacións do arqueólogo só provocaron unha resposta máis perentoria do monarca, e afatáronse ámbolos dous moi amolados. O sabio choeuse no seu acubillo para lidar coa súa decepción; antes de marchar, así e todo, deulle ó rei máis un aviso para que andase a modo coa súa perigosa cativa. Mais, ¿el onde está o vello namorado que escoite un consello? Aben Habuz abandonouse de cheo á revoeira da súa paixón. A súa soa ansia era como aparecer agradable ós ollos da beldade gótica. El non tiña xuventude que o valese, é certo, mais daquela tiña riquezas; e cando un namorado é vello, polo regular é xeneroso. O Zacatín de Granada foi esculcado para rapina-las mercadorías máis prezadas do Oriente; sedas, alfaias, pedras preciosas, perfumes requintados, todo aquilo que Asia e mais África criaban de rico e de raro, foille prodigado á princesa.

Foron ideados espectáculos e festas de toda sorte para que se distraese: cantigas, danzas, torneos, touradas. Granada, por algún tempo, foi escenario de festexos perpetuos. A princesa goda ollaba todo este esplendor co xeito de alguén afeito á magnificencia. Ela recibía todo aquilo como homenaxe debida é seu rango, ou máis ben á súa beleza, pois que a beleza é máis soberbia aínda nas súas esixencias cá liñaxe. Aínda máis; parecía que tiña un secreto pracer encirrando ó monarca a dispendios que facían mingua-lo seu tesouro, e logo tratando a súa xenerosidade insensata como cousa corriqueira. Con toda a súa constancia e munificencia, por riba, o venerable namorado non se podía gabar de ter feito impresión ningunha no corazón da princesa. Nunca ela lle engruñaba o bico, iso é certo, mais tampouco nunca lle sorría. Sempre que el principiaba a lle face-las beiras, ela tanxía a súa lira de prata. Había un engado místico naquel son. E nun instante o monarca comezaba a topenear; o sopor íao invadindo, e pouco e pouco mergullaba no sono; do que acordaba marabillosamente anovado, mais enteiramente arrefriado, polo momento, da súa arroutada de paixón. Isto coutaba dabondo o seu cortexo, mais daquela estas sonecas ían acompañadas de soños agradables que engaiolaban por completo os sentidos do amante adurmiñado; de maneira que seguía a soñar, mentres toda Granada chufaba do seu aparvamento e laiaba dos tesouros desbaldidos por mor dunha canción.

Co andar do tempo, desatouse un perigo sobre a testa de Aben Habuz, contra o cal o seu talismán non lle deu aviso ningún. Estoupou unha revolta na propia capital; o seu palacio viuse rodeado por unha chusma armada que ameazou a súa vida e maila vida da súa cristiá benquerida. E no peito do monarca prendeu unha faísca do seu espírito guerreiro de antano. Á cabeza dun grupo dos seus gardas, fixo unha saída impetuosa, puxo os revoltados en fuxida e esmagou a insurrección no xermolo.

En que se restableceu o acougo, procurou o astrólogo que aínda seguía pechado no seu acubillo, a remoer no codelo amargurado do resentimento.

Aben Habuz achegóuselle con ton conciliador.

—¡Oh, sabio fillo de Abu Aiub! –díxolle–. Ben me agoiráche-los perigos que para min traía esta cativa beldade; dime entón, ti que es tan agudo para adiviñáre-lo perigo, qué teño de facer para o arredar.

—Torna de onda a ti a doncela pagá que é a súa causa.

—¡Antes había deixa-lo meu reino! –berrou Aben Habuz

—Córre-lo risco de perde-los dous –retrucou o astrólogo.

—Non sexas cru nin te alporices, oh o máis profundo dos filósofos; considera a dobre angustia do monarca e mais do amante, e matina nalgún medio para me defender dos males que me ameazan. Nada me importa a grandeza, nada tampouco o poder. Só devezo polo acougo; oxalá eu tivese algún acubillo tranquilo, onde me poder afastar do mundo e de tódolos seus coidados, pompas e amoladelas, e dedica-lo resto dos meus día ó sosego e mais ó amor.

O astrólogo fitouno un intre dende embaixo das súas cellas mestas.

—¿E el que me habías dar, de eu te poder fornecer un acubillo dese xeito?

—Ti propio has sinala-la túa recompensa; e calquera que for, de ela estar ó alcance do meu poder, pola vida da miña alma, que ha ser túa.

—¿Tes oído falar, oh rei, do xardín de Irem, un dos portentos da Arabia Feliz?

—Teño oído dese xardín; é citado no Corán, xusto no capítulo titulado "O Alborexar do Día". Teño eu, alén diso, oído cousas marabillosas que contaban del os peregrinos que estiveran na Meca, mais considereinas fábulas desvariadas, conforme as que adoitan conta-los viaxeiros que visitaron países afastados.

—Non descreades, oh rei, dos contos dos viaxeiros –retrucou o astrólogo con gravidade– pois que conteñen raros e preciosos saberes traídos dende os cabos da terra. No tocante ó palacio e mailo xardín do Irem, o que polo regular contan deles é certo. Vinos eu cos meus propios ollos. Escoitade a miña aventura, pois ela ten relación co obxecto da vosa demanda.

»Nos meus días mozos, cando eu era só un árabe do deserto, coidaba dos camelos do meu pai. En atravesando o deserto do Adén, un deles afastouse dos outros e perdeuse. Andei na súa procura durante varios días, mais en balde, ata que canso e sen forzas deitei ó mediodía baixo un palmeiro a carón dun pozo medio seco e durmín. En que acordei, acheime ás portas dunha cidade. Entrei nela e ollei rúas nobres, prazas e mercados, mais todo estaba silandeiro e sen un só habitante. Seguín a vadiar deica chegar a un palacio suntuoso, ornado con fontes e estanques de peixes, e soutos e flores e mais hortas inzadas de froitas deliciosas; mais aínda non se vía ninguén. Por mor do cal, amedoñado por esta soidade, bulín a marchar e, despois de saír cara ás portas da cidade, virei para olla-lo sitio aquel; mais xa non había cousa que ver, nada fóra do ermo silandeiro que se estendía perante os meus ollos.

»Naqueles arredores atopei cun ancián dervixe instruído nas tradicións e mailos segredos do país, e conteille o que me acontecera. "Velaí tés", dixo, "o tan famoso xardín do Irem, unha das marabillas do deserto. El só se mostra, por veces, a algún errante coma ti, alegrándose coa vista das torres e dos palacios e de valados de xardíns rebordantes de árbores inzadas de ricas froitas, e logo esvaece, sen deixar máis nada có deserto solitario. E ei-la súa historia. Nos tempos de vello, cando este país era habitado polos aditas, o rei Sheddad, fillo de Ad, bisneto de Noé, fundou aquí unha espléndida cidade. Cando estivo rematada e viu a súa magnificencia, o seu corazón oupou co orgullo e a fachenda, e determinou construír un palacio real cuns xardíns que rivalizasen con todo o que se dixo no Corán do paraíso celestial. Mais a maldición do ceo caeu sobre el pola súa fachenda. El e mailos seus súbditos fóronche varridos da face da terra; e a súa cidade esplendorosa, o palacio e mailos xardíns postos baixo un feitizo perpetuo que os agacha da vista humana, fóra de se deixaren ver a intervalos, por mor de manter lembranza perpetua do seu pecado".

»Esta historia, oh rei, e as marabillas que eu vin, fican para sempre gravadas no meu espírito; e logo de anos, en que estivera en Exipto e na posesión do libro do coñecemento de Salomón o Sabio, determinei volver e visitar de novo o Xardín do Irem. Fíxeno así e achei que se revelaba ante a miña vista adestrada. Tomei posesión do palacio de Sheddad e botei varios días no seu paraíso finxido. Os xenios que gardan o lugar foron obedientes ó meu poder máxico e reveláronme os encantamentos baixo os que o xardín enteiro estivera, coma quen di, esconxurado na súa existencia, e polos cales foi feito invisible. Un palacio e mais un xardín coma eses, oh rei, podo eu facer para ti, aquí mesmo, na montaña que sobrancea a vila. ¿El non coñezo tódolos esconxuros secretos? E ¿non estou eu na posesión do libro da sabedoría de Salomón o Sabio?

—¡Oh sabio fillo de Abu Aiub! –exclamou Aben Habuz, a tremer coa ansia–. ¡Ti es un viaxeiro de certo, e levas visto e aprendido cousas marabillosas! Argalla para min un paraíso semellante e pide calquera recompensa, ata mesmo a metade do meu reino.

—¡Ai! –respondeu o outro–. Ben sabedes que son vello e filósofo e de bo conformar; toda a recompensa que eu pido é a primeira mula, coa súa carga, que entre polo portal máxico do palacio.

O monarca aceptou contento tan moderado convenio e o astrólogo principiou a súa obra. No curuto do outeiro, xusto enriba da súa ermida soterraña, mandou facer unha grande arcada ou barbacá, que levaba ata o centro dunha rexa torre.

Había un vestíbulo exterior ou pórtico cun arco levantado e dentro del un portón asegurado por portas macizas. Na pedra angular do lintel do portal, o astrólogo, coa súa propia man, labrou a figura dunha enorme chave, e na clave do arco exterior do vestíbulo, que estaba máis alta cá do portal, gravou unha man xigante. Eran estes poderosos talismáns, perante os cales repetiu moitas falas nunha lingua descoñecida.

En que esta entrada foi concluída, pechouse durante dous días no seu salón astrolóxico, ocupado en encantamentos secretos; no terceiro subiu á cuíña e botou o día enteiro no seu curuto. Á noite pecha, baixou e presentouse ante Aben Habuz.

—A poder de tempo, oh rei –díxolle–, rematou o meu labor. No curuto do outeiro érguese un dos palacios máis deleitosos que endexamais idease a mente humana ou arelase o corazón do home. Contén suntuosos salóns e galerías, xardíns deliciosos, fontes frescas e baños recendentes; nunha palabra, a montaña enteira virou nun paraíso. E, conforme o xardín do Irem, está defendido por un poderoso esconxuro que o agacha da vista e mais da pescuda dos mortais, agás daqueles posuidores do segredo dos seus talismáns.

—¡Abonda! –berrou Aben Habuz, reloucante–. Mañá cedo, coa primeira luz, habemos subir e tomar posesión.

O feliz monarca durmiu ben pouco esa noite. E non ben o sol comezou a raiolar xogando sobre os cumes nevados da Serra Nevada, montou no seu corcel e, acompañado só dunha petada de criados escolleitos, gabeou por un camiño enfesto e estreito que levaba ata o outeiro. Á beira súa, nun albo palafrén, cabalgaba a princesa goda, o vestido todo a faiscar coas alfaias, mentres do colo lle penduraba a lira de prata. O astrólogo ía a