|
16 de xullo de 1833. Este é un aniversario especial para min, ¡cumpro trescentos vintetrés anos! ¿O xudeu errante? de certo que non, por el xa pasaron máis de oito séculos. En comparación con el, eu son un inmortal moi novo. Daquela ¿son inmortal?, iso é o que me levo preguntando día e noite durante os últimos trescentos tres anos, e aínda non fun quen de contestar. Precisamente hoxe descubrín unha cana entre os meu rizos morenos, e iso certamente ha de significar que empezo a envellecer. Aínda que tamén puido estar aí oculta durante trescentos anos, pois algunhas persoas teñen o cabelo completamente branco antes de cumpri-los vinte. Vou conta-la miña historia; e logo, deixarei que os lectores xulguen por min. Así, mentres llela conto, irán pasando unhas cantas horas desta longa eternidade que se me fai tan insoportable. ¡Para sempre! ¿É iso posible? ¡Vivir para sempre! Teño oído de encantamentos nos que as víctimas foron sumidas nun profundo sono e espertaron cen anos despois, frescas coma unha rosa. Oín falar, por exemplo, dos Santos dormentes e do feliz que foi o lendario Nourjahad. Ser inmortal desa maneira non sería cansado pero, ¡ai, que insoportable se fai o peso do tempo eterno, o lento paso das horas sucedéndose sen fin! Mais sigo co meu relato. Todo o mundo oíu falar de Cornelius Agrippa. A súa memoria é tan inmortal como son eu, por causa da súa sabedoría. Todo o mundo oíu falar tamén daquel discípulo seu que, sen querer, invocou ó Inimigo en ausencia do mestre e foi destruído por el. O relato deste accidente, verdadeiro ou falso, puxo en apuros ó célebre filósofo. Abandonárono tódolos alumnos seus, e os seus serventes desapareceron. Non tiña quen mantivese o lume aceso mentres el durmía ou quen prestase atención ós cambios de cor das súas menciñas mentres estudiaba. Un tras doutro, estragábanse tódolos seus experimentos, xa que dúas mans non abondaban para ter conta deles. Os espíritos das tebras burlábanse del por non ser quen de reter un só mortal ó seu servicio. Daquela eu era moi novo e moi pobre e estaba moi namorado. Fora discípulo de Cornelius durante un ano máis ou menos, pero estaba ausente cando ocorreu o accidente. Cando regresei, os meus amigos pregáronme que non volvese a aquela casa. Tremía cando me contaron aquela arrepiante historia e non esperei por un segundo aviso; así que, cando Cornelius me veu ofrecer unha bolsa de ouro por quedarme baixo o seu teito, sentín como se o propio Satanás me estivese a tentar. Estaba arrepiado, batíanme os dentes e saín correndo tan rápido como mo permitían as miñas debilitadas pernas. Desfalecido, deixei que os meus pasos me levasen ó lugar onde se dirixiran cada serán dos dous últimos anos: a unha fonte da que abrollaba suavemente unha auga pura e limpa, preto da cal agardaba unha moza de cabelos mouros cos ollos fixos no camiño polo que eu adoitaba chegar. Non recordo o tempo no que non amaba a Bertha: foramos veciños e compañeiros de xogos desde nenos; os seus pais, coma os meus, eran de condición humilde pero honrados, e o noso amor era fonte de alegría para eles. Mais un funesto día, unha febre maligna levou ó seu pai e á súa nai e Bertha quedou orfa. O meu pai acolleríaa de bo grado baixo o noso teito pero, desgraciadamente, a dona do castelo veciño, rica, solitaria e sen fillos, declarou a súa intención de afillala. En adiante, Bertha vestiría roupas de seda, moraría nun palacio de mármore e todos a verían como aquela á que lle sorría a fortuna. Sen embargo, a pesar da súa nova situación e os seus novos amigos, Bertha seguía fiel ó seu amigo de tempos máis humildes. Visitaba a miúdo a casa do meu pai, e cando lle prohibían ir alí, desviábase cara á fraga veciña para atoparse comigo a carón da sombriza fonte. Dicía a miúdo que coa súa nova protectora non tiña un compromiso tan sagrado coma o que a unía comigo. Emporiso, eu non era bastante rico para poder casar, e ela empezaba a estar farta de vivir atormentada por causa miña. Era orgullosa pero tamén impaciente, e exasperábase polos obstáculos que impedían a nosa unión. Daquela, atopámonos despois dunha longa ausencia. Ela estivera moi aflixida mentres eu estaba fóra, e agora laiábase con amargura e case me reprochaba que fose pobre. Eu contesteille sen pensar: "¡Son pobre pero honrado! ¡De non selo, quizais logo sería rico!" Esta afirmación deixou no aire unha chea de preguntas. Tiña medo de asustala se lle confesaba a verdade. Pero conseguiu sacarma; e entón, cunha mirada de desprezo, dixo: "¡Dis que me amas e non obstante tes medo de enfrontarte co diaño por min!" Asegureille que só temía ofendela, pero ela teimaba en que recibiría unha magnífica recompensa. Así, alentado e avergonzado por ela, cegado polo amor e maila esperanza e ríndome dos meus temores, volvín con paso rápido e corazón lixeiro para acepta-la oferta do alquimista, quen me devolveu inmediatamente ó meu antigo posto. Pasou un ano e gañei unha suma considerable de diñeiro. O costume escorrentou os meus temores. Aínda que estaba á espreita en todo momento, nunca achei ningunha pegada de pezuño na nosa casa, nin se viu nunca a tranquilidade do noso estudio perturbada por ouleos demoníacos. Seguín vendo a Bertha ás escondidas e a esperanza renaceu en min; esperanza si, mais non felicidade completa, pois que Bertha coidaba que a seguridade era inimiga do amor e compracíase facéndome elixir entre eles. Aínda que fiel, era bastante coqueta e facíame adoecer cos celos. Desprezábame de mil maneiras e nunca se desculpaba, facíame tolear de rabia e logo obrigábame a a suplicarlle perdón. Ás veces, cando coidaba que non era submiso dabondo, inventaba algunha historia dun rival que era o preferido da súa protectora. Vivía rodeada de mozos vestidos de seda, ricos e guapos, ¿que oportunidade podería te-lo farrapento discípulo de Cornelius comparado con eles? Nunha ocasión, o filósofo tíñame tan ocupado que non me puiden atopar con ela tal como conviñeramos. Cornelius andaba enredado nalgún traballo moi importante, e tiven que quedar alimentando o forno e vixiando os preparados químicos día e noite, mentres Bertha esperaba en van na fonte. Era orgullosa, e alporizouse moito por ese desaire. Cando por fin puiden escapar durante os escasos minutos que tiña para durmir, esperaba que ela me confortase; sen embargo, recibiume con indiferencia e desprezo, e aseguroume que non lle había concede-la súa man a un home que non fose quen de estar en dous sitios ó mesmo tempo por ela. Xurou que se había vingar, e de certo que o fixo. Mentres eu sufría en silencio a miña derrota, escoitei dicir que ela estivera cazando acompañada de Albert Hoffer. Hoffer era o preferido da súa protectora, e un día pasaron os tres cabalgando por diante da miña ventá. Pareceume que mencionaban o meu nome, seguido dunha risada burlona, mentres Bertha cravaba os seus ollos escuros, cheos de desprezo, na miña afumada casa. Todo o veleno e o desasosego dos celos asolou o meu corazón. Primeiro derramei un río de lágrimas pensando que nunca chegaría a ser miña, e logo reneguei da súa veleidade. Pero así e todo, tiña que seguir atizando o lume e vixiando os cambios das inintelixibles menciñas do alquimista. Cornelius levaba tres días e tres noites de vixilia sen sequera cerra-los ollos. As pocións dos seus alambiques progresaban a un ritmo máis lento do que el esperaba. A pesar do seu desacougo, xa non podía mante-los ollos abertos; custáballe un triunfo sacudi-lo sono que lle cegaba unha e outra vez os sentidos. Por fin, ollou melancólico os crisois e murmurou: "Aínda non está listo, ¿terá que pasar aínda outra noite antes de que a obra estea rematada? Winzy, fillo, ti que es agudo e leal e durmiches pola noite, vixía este vaso. Contén un líquido dunha cor lixeiramente rosada; cando empece a cambiar de ton, espértame, ata entón déixame pechar un pouco os ollos. Primeiro ponse branco, e despois despide faíscas douradas; pero non esperes ata que pase iso, cando a cor rosa empece a esvaecer, espértame". Estas últimas palabras, murmuradas mentres adormecía, xa case non as escoitei. Mais, nin sequera entón se deixou dobregar polas leis da natureza e seguiu dicindo: "Winzy, fillo, non lle toques ó vaso, non se che ocorra levalo ós labios. É un filtro que cura o amor, e ti non queres deixar de amar á túa Bertha ¿non si?, pois ¡moito coidado con bebelo!" Repousou a venerable testa no peito e quedou durmido, a penas se escoitaba a súa respiración. Observei o vaso durante uns minutos, pero o ton rosa do líquido non cambiou. Daquela, a miña mente comezou a vagar, vinme na fonte, nunha chea de escenas encantadoras que nunca habían de volver, ¡nunca! Cando a palabra "nunca" empezou a tomar forma nos meus labios enchéuseme o corazón de veleno. ¡Traidora!, ¡traidora e cruel! Nunca me volvería mirar como miraba a Albert aquel serán. ¡Muller detestable e odiosa! A cousa non podía quedar así, como vinganza habíalle dar morte a Albert ós seus pés... mataríaa a ela coas miñas propias mans... Sorría triunfante e altiva, consciente da miña aflicción e o seu poder. Mais, ¿que poder tiña ela sobre min? O poder de provoca-la miña ira, o meu desprezo máis absoluto, a miña... ¡calquera cousa menos indiferencia! ¡Se puidese conseguir iso! ¡Se puidese mirala con ollos indiferentes e entregarlle ese amor non correspondido a outra máis pura e sincera, iso sería, sen dúbida, unha victoria! De repente, un luz intensa escintilou ante os meus ollos. Xa me esquecera da menciña do mestre. Contempleina con asombro: a superficie do líquido refulxían cunha beleza admirable, despedía unhas faíscas máis brillantes cás que producen os raios do sol ó pasar a través dun diamante. Unha fragrancia deliciosa anegou os meus sentidos, o vaso semellaba unha bóla luminosa e brillante, fascinante para a vista e cativadora para o padal. A miña primeira reacción, inspirada instintivamente polos sentidos, foi: "¡quero beber! ¡teño que beber!" Levei o vaso ós labios e murmurei: "¡Curarame deste amor, desta tortura!" Cando o filósofo acordou, xa eu engulira a metade do licor máis delicioso que probou o padal humano. Asusteime e deixei cae-lo vaso, o líquido derramouse escintilando polo chan e empezou a arder. Entre tanto, sentín como Cornelius me apertaba a gorxa berrando: "¡Desgraciado, destruíche-lo traballo de toda a miña vida!" Non caeu na conta de que eu bebera parte da menciña. Cría que collera o vaso por curiosidade e que o deixara caer, asustado polo resplandor e a intensa luz que desprendía; versión que eu admitín implicitamente. Nunca lle contei a verdade. Apagámo-lo lume e o recendo da menciña foise esvaecendo, Cornelius recuperou a serenidade, como debe facer todo filósofo ante as maiores adversidades, e deume permiso para descansar. Sería inútil intentar describi-lo sono celestial que elevou a miña alma ó paraíso do gozo durante as restantes horas daquela noite inesquecible. As palabras serían simples representacións banais da satisfacción e maila alegría que asolagaban o meu corazón cando espertei. Flotaba no aire, o meu pensamento vagaba polas nubes. A terra semellaba o ceo, e o meu legado dese paraíso era vivir nun éxtase de gozo. "Isto é estar curado do amor", pensei. "¡Hoxe irei visitar a Bertha e mostrareime frío e distante, demasiado feliz como para tratala con desprezo, pero completamente indiferente cara a ela!" As horas voaban e Cornelius, seguro de que se o conseguira a primeira vez tamén o había lograr unha segunda, comezou de novo a elabora-la súa menciña. Pechouse cos seus libros e as súas herbas, e deume uns días de descanso. Vestinme coidadosamente e mireime nun escudo vello pero brillante que me serviu de espello; parecía que o meu aspecto mellorara extraordinariamente. Con bo ánimo e rodeado de toda a beleza do ceo e da terra, apurei cara a fóra dos lindes da cidade. Collín cara ó castelo, e caín na conta de que era capaz de mira-las súas grandiosas torrs con espírito ledo, porque xa estaba curado do amor. Bertha viume ó lonxe cando subía polo camiño, e non sei que repentina forza espertou no seu peito que, ó verme, baixou a escaleira de mármore brincando coma unha corza e botou a correr cara a min. Mais tamén me viu a bruxa da vella fidalga que se facía chama-la súa protectora e, en realidade, era a súa tirana; subía abafada e coxeando cara ó pórtico, mentres que un paxe, tan feo coma ela, lle suxeitaba a cola e lle daba aire ó tempo que corría. Foi el o que detivo á miña linda rapaciña dicindo: "¿Para onde vas con tanta présa, desvergonzada? Volve á túa gaiola, que fóra asexan os falcóns". Puiden apreciar como Bertha apertaba as mans, cos ollos aínda voltos cara a min. ¡Como aborrecía á vella harpía que teimaba en reprimi-los nobres impulsos da miña amada cando por fin comezaba a conmoverse! Ata entón, eu sempre evitara enfrontarme coa señora do castelo por respecto ó seu rango, pero naquel momento non reparei en consideracións tan triviais. Xa curara do amor e estaba por riba de calquera temor humano, así que apurei o paso e cheguei en seguida ó pórtico. ¡Bertha estaba preciosa! Lostregábanlle os ollos e ardíanlle as meixelas de impaciencia e rabia, estaba máis garrida e encantadora ca nunca, pero eu xa non a amaba ¡oh, non! ¡adorábaa!, ¡venerábaa!, ¡idolatrábaa! Aquel día premérana con máis insistencia ca nunca para que consentise en casar de inmediato co meu rival. Reprochábanlle que lle tivese dado azos, e ameazábana con botala da casa avergonzada e deshonrada. Ela, orgullosa, rebelouse contra a tal ameaza; mais, ó lembrar tódolos desprezos que me fixera, e que, quizais por iso, perdera o que agora consideraba o seu único amigo, rompeu a chorar coa rabia e os remordementos. Nese momento aparecín eu. "¡Oh, Winzy!", exclamou. "Lévame en seguida á cabana da túa nai. Aborrezo tódolos luxos desta suntuosa casa que non me trouxo máis que desgracias, ¡lévame de volta á pobreza e á felicidade!" Collina nos brazos, extasiado. A vella quedou muda de rabia, e cando empezou a proferir improperios xa nós estabamos lonxe, camiño da casa dos meus pais. A miña nai recibiu con tenrura e alegría á coitadiña refuxiada, que acababa de escapar dunha gaiola de ouro buscando a liberdade na sinxeleza; e o meu pai, que lle quería coma a unha filla, deulle a benvida de todo corazón. Foi un día de xúbilo, o meu corazón choutaba de alegría sen necesidade de ningunha poción máxica. Pouco despois daquel día tan axitado casei con Bertha. Deixei de se-lo discípulo de Cornelius, pero seguín sendo o seu amigo. Sempre lle estiven agradecido por permitirme, sen sabelo, tomar un grolo daquel elixir divino que, en vez de curarme do amor ¡triste cura!, un remedio cheo de soidade e dor contra unha coita que hoxe semella unha bendición infundiu en min a coraxe e maila resolución necesarias para conquista-lo inestimable tesouro que resultaría ser Bertha. Con frecuencia, recordo abraiado aquela época de embriaguez case hipnótica. A beberaxe de Cornelius non cumprira o cometido para o que el afirmaba que fora preparada, mais non hai palabras que poidan expresa-los efectos tan marabillosos que produciu en min. Aínda que o efecto se ía esvaecendo paseniño, durou moito tempo e encheume a vida de ledicia. Ás veces, Bertha abraiábase ó verme tan alegre e entusiasmado, algo inusitado en min xa que antes era máis ben serio, mesmo tristeiro. Agora, co meu novo carácter, aínda me quería máis, e nas nosas vidas non había sitio para a tristura. Uns cinco anos despois, Cornelius mandoume chamar ó seu leito de morte requirindo a miña presencia inmediata. Atopeino deitado no xergón cunha febre altísima; o chisco de vida que lle quedaba brilláballe na penetrante mirada, fixa nun vaso de vidro que contiña un líquido rosado. ¿Decátaste do insignificante que é a vontade humana? dixo con voz entrecortada e como para si. Por segunda vez están a piques de verse cumpridas as miñas esperanzas, e por segunda vez me escapan. ¿Ves esa poción? Lembra que hai uns cinco anos preparei a mesma beberaxe co mesmo resultado: daquela, coma agora, esperaba poder sacia-la miña sede co elixir da inmortalidade ¡entón, estragáchelo ti e agora, xa é tarde de máis! Falaba con dificultade e tiña que recostarse contra a almofada. Mais non puiden evitar dicirlle: Pero, venerado mestre, ¿como pode un remedio contra o amor devolverlle a vida? Un remedio para o amor e para todo: ¡o Elixir da Inmortalidade! ¡Ai, se puidese bebelo agora viviría para sempre! dixo, de maneira case inintelixible, mentres que un vago sorriso lle iluminaba a cara. E, dicindo el isto, do vaso xurdiu un resplandor dourado, e unha fragrancia ben coñecida para min espallouse no aire. A pesar do débil que estaba, ergueuse e estendeu o brazo, a forza parecía retornar ó seu corpo como por arte de maxia. A min asustoume un forte estalo, o elixir despediu un lóstrego e o vaso escachou en mil anacos. Mirei para o filósofo: caera de costas e tiña os ollos vidrosos e as faccións ríxidas, ¡estaba morto! ¡Pero eu estaba vivo e ía vivir para sempre! Iso dixera o desafortunado alquimista, e durante uns días crin nas súas palabras. Recordaba a felicidade embriagadora que me inundou despois de botar aquel trago ás escondidas. Dei en cavilar sobre os cambios que se produciran no meu corpo e na miña alma: a exultante elasticidade do primeiro e o eufórico entusiasmo da última. Examinei o meu rostro polo miúdo no espello, e non notei que se tivese producido ningún cambio nas miñas faccións durante os últimos cinco anos. Recordaba a luminosa cor e o arrecendo daquela deliciosa bebida, dignos do poder que posuía. Polo tanto, ¡eu era Inmortal! Uns días máis tarde, eu mesmo ría da miña credulidade. O vello proverbio que di que "ninguén é profeta na súa terra" resultou ser verdade tocante a min e ó meu defunto mestre. Eu apreciábao como persoa e respectábao como mestre, pero a idea de que puidese ter algún poder sobre as forzas das tebras parecíame ridícula e burlábame do medo supersticioso con que o miraba a xente. Era un filósofo moi sabio, mais non coñecía outros espíritos que non fosen os recubertos de carne e óso. Os seus coñecementos eran puramente humanos; e o saber humano, conseguín convencerme a min mesmo, nunca chegaría a domina-las leis da natureza ata o punto de poder encerra-la alma para sempre na súa morada carnal. Cornelius elaborara unha bebida que restablecía o espírito, unha bebida máis embriagadora có viño e máis doce e olorosa ca ningunha froita, e que probablemente tiña poderes medicinais: proporcionáballe alegría ó corazón e vigor ós membros. Pero os seus efectos acabarían desaparecendo, no meu corpo xa empezaran a minguar. Considerábame un tipo afortunado porque o meu mestre me obsequiara con boa saúde e alegría e quizais unha longa vida. Pero a miña boa fortuna acababa aí, a lonxevidade era ben diferente da inmortalidade. Seguín abrigando esta crenza durante moitos anos, aínda que ás veces me pasaba unha idea pola cabeza: ¿estaba realmente equivocado o alquimista? Mais, en xeral, seguía a crer que me chegaría a miña hora como a calquera cristián, quizais un pouco tarde pero, a unha idade normal. emporiso, non había dúbida de que tiña unha aparencia extraordinariamente xuvenil. A xente burlábase da miña vaidade por mirarme no espello con tanta frecuencia. Pero era todo en balde, xa que na miña fronte non se vía unha engurra; as meixelas, os ollos, todo eu seguía tan louzán coma ós vinte anos. Estaba desconcertado, ollaba a mirrada beleza de Bertha, e parecía máis ben a miña nai. Pouco a pouco, os veciños comezaron a facer comentarios deste tipo e finalmente, descubrín que me chamaban "o rapaz enmeigado". Incluso Bertha empezou a inquietarse, volveuse celosa e irritable e, co tempo, deu en facerme preguntas. Non tiñamos fillos, estabamos completamente sós; pero, así e todo, ó ir envellecendo, o seu carácter ledo e esperto acabou por acedarse, e a súa beleza comezou a murchar. Sen embargo, eu apreciábaa como a amante que adorara na xuventude e a esposa que conquistara con tanta dedicación. Ó final, a situación volveuse insoportable. Bertha tiña cincuenta anos e eu vinte. Avergonzado, adoptei costumes de vello: nos bailes xa non me xuntaba cos mozos, aínda que o meu corazón brincaba con eles e tiña que conte-los pés para non bailar; facía unha estampa ridícula entre os homes maduros da vila. Pero as cousas xa empezaran a cambiar antes de todo iso. Rexeitábannos todos porque crían que fixeramos, cando menos eu, un pauto diabólico con algún dos supostos aliados do meu antigo mestre. A min tíñanme medo e aborrecíanme, e á pobre Bertha, aínda que lle tiñan mágoa, abandonárona á súa sorte. ¿Que podiamos facer? Ficar sentados a carón do lume vendo como a pobreza entraba na nosa casa, xa que ninguén quería compra-los productos da miña granxa. A miúdo tiña que facer vinte millas de viaxe para poder vendelos nun sitio onde non me coñecesen. Menos mal que tiñamos algo aforrado por se viñan malos tempos. Ficabamos sós, o mozo avellentado e a súa anticuada muller sentados a carón do lume. Bertha seguía insistindo en sabe-la verdade, xuntaba todo o que escoitara sobre min e engadíalle as súas propias conclusións. Chegou a suplicarme que desfixese aquel meigallo. Intentou convencerme de cánto máis fermosas eran as canas cós meus rizos castaños, eloxiaba o respecto e a veneración que inspira a vellez comparados coa escasa consideración que se ten cos mozos. ¿Como puiden imaxinar que o desprezable don da xuventude e a beleza sería máis forte có odio, o desprezo e a vergonza? Acabarían queimándome por practicar maxia negra, e a Bertha á que non fora quen de comunicarlle nin sequera unha pequena parte da miña boa fortuna poderían lapidala por se-la miña cómplice. Por último, chegou a insinuar que debía comparti-lo meu segredo con ela para que puidese gozar dos mesmos beneficios ca min, se non quería que me denunciase, e despois botou a chorar. Vinme tan acurralado que pensei que o mellor era dicirlle a verdade. Conteillo con todo o tacto que puiden, e non lle falei de inmortalidade, senón dunha longa vida, que era tamén o que mellor cadraba coa idea que eu tiña do asunto. Cando rematei o relato, púxenme de pé e díxenlle: E agora, Bertha, ¿aínda queres denuncia-lo teu amante de xuventude? Sei que non o farás, pero sería inxusto que ti, a miña querida esposa, sufríse-las consecuencias da miña mala sorte e das artes malditas de Cornelius. Débome ir. A ti quédache abondo para vivir; e, cando eu marche, volverán os vellos amigos para botarche unha man. Aínda parezo novo e son forte, podo traballar e gaña-lo pan onde ninguén me coñeza nin sospeite de min. Ameite de mozo e poño a Deus por testemuña de que non te abandonaría na vellez, se non fose pola túa propia seguridade e felicidade. Collín o sombreiro e dirixinme á porta; pero en seguida sentín como os brazos de Bertha rodeaban o meu colo e os seus labios bicaban os meus. "Non, meu queridiño, meu Winzy", dixo, "non te irás só, lévame contigo; marcharemos deste sitio e , como ti dixeches, entre descoñecidos estaremos seguros e libres de calquera sospeita. Aínda non son tan vella como para avergonzarte. Seguramente ha desaparecer logo o feitizo e, Deus mediante, envellecerás como corresponde. ¡Por favor, non te vaias sen min!" Abraceina forte contra o meu peito e díxenlle: "Non temas, non te deixarei, non o pensara nin por un momento. Seguirei sendo o teu maridiño fiel e coidarei de ti ata que Deus te chame ó seu lado". Ó día seguinte preparámonos en segredo para a partida. Teriamos que renunciar a moitas cousas, era inevitable. Reunímo-la suma de diñeiro necesaria para manternos polo menos mentres Bertha vivise e, sen dicirlle adeus a ninguén, deixámo-la nosa terra natal para refuxiarnos nun lugar remoto do oeste de Francia. Foi cruel afastar á pobre Bertha da súa vila natal e os seus amigos de xuventude e levala a un país con outra lingua e outros costumes. Para min, a partida era algo sen demasiada importancia debido ó segredo do meu insólito destino. Xa que logo, compadecíame profundamente dela e alegrábame comprobar que encontraba consolo para as súas desgracias nunha chea de pequenas casualidades ridículas. Lonxe de tódolos coñecidos, ela intentaba oculta-la evidente diferencia de idade que nos separaba mediante un milleiro de trucos femininos: poñía carmín nos labios, usaba roupa xuvenil e comportábase coma unha mociña. Non podía enfadarme con ela, ¿non levaba eu tamén unha máscara? ¿Por que había de discutir con ela se os seus trucos non funcionaban tan ben coma os meus? Unha tristeza infinita asolaba o meu corazón cando lembraba que esa era a miña Bertha, a que eu amara tan apaixonadamente, a que tanto me custara conquistar. Aquela rapaza de cabelos mouros e ollos escuros, cun sorriso pícaro e cativador, que saltaricaba coma unha corza, convertérase nesa vella mexeriqueira e celosa. ¡Debería venera-las súas canas e engurras! Sabía que era o meu deber. Pero ese tipo de decadencia non era o que eu aborrecía nela. A súa desconfianza non tiñan límite. A súa principal ocupación era descubrir que, a pesar da aparencia externa, eu tamén estaba a envellecer. Creo que, no fondo, a pobre amábame de verdade; mais nunca coñecín unha muller cunha forma tan opresiva de demostra-lo seu cariño. Descubría engurras na miña cara e debilidade no meu andar, mentres que eu brincaba con vitalidade xuvenil e parecía o máis novo dos mozos do lugar. Nunca se me ocorrería falarlle a outra muller; sen embargo, nunha ocasión, ela, crendo que a beleza da vila me miraba con bos ollos, comproume unha perruca gris. O tema habitual de conversación coas súas amizades era que, aínda que parecía tan novo, o meu corpo estaba a deteriorarse e o peor síntoma, afirmaba, era esa aparente saúde. Dicía que a miña xuventude era unha enfermidade e que debía estar preparado, se non para unha morte repentina e horrible, cando menos para espertar unha mañá co pelo todo branco, corcovado e con tódolos achaques da vellez. Eu deixábaa falar e a miúdo mesmo corroboraba as súas conxecturas, que concordaban coas miñas eternas especulacións sobre o meu estado. Incluso cheguei a tomar un serio aínda que doloroso interese por escoitar todo o que o seu rápido enxeño e a súa imaxinación exaltada podían discorrer sobre o tema. ¿Para que estendernos en máis detalles? Aínda vivimos xuntos moitos anos. Bertha quedou paralítica e prostrada nunha cama. Coidei dela como unha nai coidaría un fillo. Co tempo, volveuse aínda máis rabecha e obsesiva, sempre cismando sobre canto tempo eu a ía sobrevivir. Consólame saber que cumprín escrupulosamente co meu deber para con ela. Foi a miña compaña na xuventude e foino tamén na vellez e, ó final, cando soterrei o seu corpo, chorei desconsolado pola perda do único que realmente me unía a este mundo. Desde entón, ¡cantas foron as miñas preocupacións e pesares e que poucas e baleiras as alegrías! Vou deixa-la miña historia neste punto, non paga a pena seguir. Un mariñeiro sen temón nin compás, sacudido por un mar tormentoso; un viaxeiro perdido nun monte inmenso, sen lindeiros nin estrelas que o guíen: iso é o que eu son e estou máis perdido e desesperado ca ningún deles. Un barco próximo ou a luz dalgunha casa ó lonxe poderían salvalos, pero para min non hai outro faro cá esperanza da morte. ¡Morte! ¡misteriosa dama de escuro rostro que asexas ós pobres mortais! ¿Por que, entre tódolos eles, tiveches que privarme a min do teu abrazo protector? ¡Oh, a paz, o profundo silencio da tumba! ¡Se o meu cerebro se detivese e o meu corazón deixase de sentir emocións que só varían cara a novas formas de tristeza! Daquela, ¿son inmortal? Volvo coa primeira pregunta. En primeiro lugar, ¿non é máis probable que a poción non concedese a vida eterna, senón unha longa vida? Iso é o que eu espero. Ademais, só tomei a metade da poción e, ¿non tería que bebela toda para completa-lo feitizo? Daquela, toma-la metade do Elixir da Inmortalidade só suporía ser semi-inmortal e así, a miña eternidade quedaría truncada e invalidada. Ora, de tódolos xeitos, ¿quen podería saber cantos anos son a metade da eternidade? A miúdo, trato de adiviñar segundo que regra se pode dividi-lo infinito. Ás veces imaxino que me fago vello. Xa atopei algunha cana. ¡Pero serei parvo! ¿aínda me lamento? Si, invádeme con frecuencia o medo á vellez e á morte; e, aínda que aborrezo a vida, canto máis vivo máis me aterra a morte. ¡Ai, o ser humano é un misterio! Nacemos para perecer e teimamos a loitar, como fago eu, contra as leis que rexen a nosa natureza. Malia esta contradicción, estou seguro de que algún día hei morrer. A menciña do alquimista non poderá máis có lume, unha espada ou as profundas augas dun río. Xa me teño visto máis dunha vez nas azuis profundidades dalgún plácido lago ou nos tumultuosos rápidos dun inmenso río, pensando que a paz reside nas súas augas. Pero, así e todo, sempre dei volta para seguir vivindo outro día máis. Pregunto eu se o suicidio será un pecado para alguén que non ten outra forma de cruza-las portas do outro mundo. Fixen de todo, excepto presentarme voluntario para o exército ou un duelo, porque desta maneira non só me destruiría a min mesmo, non, senón tamén a outros mortais, por iso me botei atrás. Os mortais non son os meus iguais. A inesgotable forza vital que habita o meu corpo e a súa existencia efémera fannos tan opostos coma os polos. Por iso, eu non sería quen de levantar unha man nin contra o máis débil nin o máis forte deles. Así vivín durante todos estes anos, só e aborrecido de min mesmo, desexando morrer pero aínda vivo: un mortal inmortal. Non teño ambicións nin son cobizoso, e ese ardente amor que me roe o corazón ese que non ha volver nunca, porque nunca atoparei un igual a quen poder entregarllo perdura só para atormentarme. Precisamente hoxe, ideei un proxecto co que por fin poderei acabar con todo sen ter que suicidarme nin facer doutro home un Caín: unha expedición á que ningún mortal, nin sequera alguén novo e forte coma min, había sobrevivir. Desta maneira, porei a proba a miña inmortalidade e descansarei para sempre ou volverei para converterme nun prodixio da natureza e un benfeitor da humanidade. Mais antes de partir, a vaidade levoume a escribir estas páxinas. Non quero morrer sen deixar pegada. Xa pasaron tres séculos desde o funesto día en que bebín aquela poción e non ha de pasar outro ano antes de que, enfrontándome a enormes perigos, loitando contra as forzas do xeo no seu propio terreo, azoutado polo temporal, a fame e maila fatiga, abandone á acción da chuvia e o vento este corpo que se converteu nunha gaiola demasiado resistente para unha alma tan sedenta de liberdade. Pero se sobrevivo, o meu nome será recordado como un dos máis célebres entre os mortais. E, daquela, hei empregar métodos máis contundentes para dispersar e aniquilar tódolos átomos que compoñen o meu corpo e libera-la vida encadeada dentro, á que tan cruelmente se lle impediu ascender deste mundo de tebras a unha esfera máis adecuada á súa esencia inmortal. |