Voltar

Etgar Keret

A casa de veraneo de Kneller

Versión galega de Moncho Iglesias Míguez

 

A historia do condutor que quería ser Deus

Esta é unha historia sobre un condutor de autobús que nunca abría a porta do autobús á xente que chegaba tarde. Non abría a porta a ninguén. Nin aos estudantes tímidos que corrían ao carón del e o observaban con miradas tristes, e moito menos ás persoas nerviosas que vestían visóns e petaban na porta con forza coma se chegaran a tempo e era el o que estaba mal; nin sequera ás velliñas con bolsas de papel marrón cheas de víveres que lle acenaban tremendo ao mesmo tempo. E non era por malicia polo que non abría a porta, xa que non había unha pinga de maldade nel; era por ideoloxía. A ideoloxía do condutor dicía que se, poñamos por caso, o retraso causado pola espera dun pasaxeiro retrasado era de medio minuto escaso, e a persoa que permanecía fóra do autobús perdía por culpa diso un cuarto de hora da súa vida, aínda sería máis xusto, para a sociedade, non abrirlle a porta, xa que o medio minuto ese perdíano todos e cada un dos pasaxeiros do autobús. E, poñamos por caso, se hai no autobús sesenta persoas que non fixeron nada a ninguén e chegan á parada a tempo; entón, todos eles, en conxunto, perden media hora, que é o dobre dun cuarto. Esta era a única causa pola que nunca abría a porta. Sabía que os pasaxeiros non tiñan nin idea do seu razoamento, nin tan sequera aqueles que corrían tras del e lle acenaban para que abrira. Tamén sabía que moitos deles pensaban que non era máis que un cabrón e, persoalmente, seríalle moitísimo máis doado deixalos subir e recibir agradecementos e sorrisos a cambio. Só que ao ter que elixir entre agradecementos e sorrisos, ou o ben da sociedade, non había ningunha dúbida para o condutor, xa que el prefería o mellor para a sociedade.

O persoa que máis sufría a ideoloxía do condutor era Adi, o que pasa que el, ao contrario que os outros personaxes do conto, nin tan sequera tentaba correr tralo autobús, basicamente porque era un vago. Adi era axudante de cociñeiro no café-bar "Boca-dos", chamado así polo máis enxeñoso xogo de palabras que fora capaz de inventar o parvo do dono. A comida non era gran cousa, pero Adi era unha persoa encantadora, tan encantador que ás veces, cando tiña que poñer un prato que non saíra moi ben, servíao el mesmo na mesa escusándose. Grazas a algunha desas desculpas atopou a felicidade ou, polo menos, a posibilidade de ser feliz, na persoa dunha rapaza tan boíña que tentara acabar o rosbif que lle cociñaran para que el non se sentira mal. Mais a rapaza non quixo dicirlle o nome nin darlle o teléfono, pero fora tan agradable que aceptara quedar con el dous días máis tarde, ás cinco, no primeiro lugar que lles veu á cabeza, no "Dolfinarium" para ser máis exactos.

Adi tiña unha enfermidade, e por culpa desa enfermidade perdera moitas oportunidades na vida. Non era desa clase de enfermidades nas que aparecen pólipos ou algo así, pero, de tódolos xeitos, xa lle fixera moito mal. Esta enfermidade sempre o facía durmir dez minutos máis da conta, e non había espertador que o erguerse da cama. Tamén por culpa diso chegaba tarde ao traballo no "Boca-dos", pola súa culpa e pola do noso condutor, ese que sempre prefería o ben da sociedade por riba de calquera favor a nivel individual. Só que esta vez, posto que se trataba da felicidade, Adi decidiu vencer a enfermidade e, en vez de durmir ao mediodía, quedaba esperto e vía a televisión. Para estar aínda máis seguro, chegou a por non un, senón tres espertadores, amais de pedir o servizo de espertador telefónico. Pero a enfermidade era difícil de curar e Adi durmiu coma un neno fronte ao canal infantil, e espertou con moito máis de dez minutos de retraso, todo suado, cos berros enxordecedores de millóns e millóns de espertadores. Adi saíu á rúa coas roupas coas que durmira e comezou a correr cara á parada de autobús. Xa non se lembraba de cómo correr, e as pernas confundíanse un pouco cada vez que cambiaban de paso. A última vez na súa vida que correra fora cando descubrira que podía escaquearse das clases de ximnasia, máis ou menos no sexto ano, só que esta vez, ao contrario que nas clases de ximnasia, correu a toda velocidade, porque nesa ocasión tiña algo que perder, e todas as molestias no peito e o funguido dos cigarros baratos non eran nada como para deixar de correr trala felicidade. No fondo, nada tiña importancia para el; nada menos o noso condutor, que pechara a porta e comezaba a afastarse rapidamente. O condutor viu a Adi polo espello retrovisor pero, como xa dixemos, tiña unha ideoloxía, unha ideoloxía lóxica que, máis que nada, se baseaba na procura da xustiza e nas contas simples. Pero a Adi non lle interesaban esas contas, era a primeira vez na súa vida na que corría para chegar a tempo, e por iso continuou a correr tralo autobús, incluso sabendo que non tiña posibilidades de alcanzalo. Porén, a sorte decidiu axudar a Adi de súpeto, pero só en parte, porque cen metros despois da parada había un semáforo, e o semáforo, un segundo antes de que o autobús chegara, púxose vermello. Adi conseguiu achegarse ao autobús e arrastrarse ata a porta do condutor. Coa respiración entrecortada, nin sequera petou no cristal, estaba sen forzas e limitouse a mirar ao condutor cos ollos húmidos e caeu de xeonllos. Iso lembroulle algo ao condutor, algo do pasado, da etapa anterior a esa na que se quixera facer condutor de autobús, cando aínda quería ser Deus. O recordo causoulle certa tristeza, xa que non chegara a converterse en Deus, pero tamén certa felicidade, xa que chegou a ser condutor de autobús, que era a segunda cousa que máis quería. E de súpeto lembrou cómo unha vez se prometera que, no caso de que houbera Deus, sería misericordioso e compasivo e escoitaría a todos os seus semellantes. E cando, dende a cima do seu asento de condutor, viu a Adi axeonllarse no asfalto, non puido máis, a pesares de todas as ideoloxías e as contas simples, e abriulle a porta. E Adi subiu e nin sequera llo agradeceu, pois nin tiña aire.

A historia esta pode acabar de lerse aquí, porque a pesar de que Adi chegou ao Dolfinarium a tempo, ao final a felicidade non puido chegar, xa que ela tiña mozo. O que pasa é que, como era tan boíña, non fora capaz de dicirllo a Adi, e preferiu deixalo colgado. Adi esperouna no banco no que quedaran case dúas horas. Mentres estaba sentado pensou en cousas depresivas sobre a vida e despois tamén contemplou a posta do sol, que estaba ben bonita, e lembrou a dor de músculos que había ter pouco despois. De volta, desexando chegar a casa, viu dende lonxe o seu autobús esperando na parada e apeando pasaxeiros, e soubo que se tivera forzas e enerxía para correr, non o collería na vida. Daquela continuou camiñando paseniño, sentindo o millón de músculos cansos a cada paso, e cando por fin chegou á parada, viu que o autobús aínda estaba alí, esperándoo. E o condutor, a pesar de todos os murmurios de enfado e as peticións ruidosas dos pasaxeiros, esperou a que Adi subira e non lle deu ao gas ata que atopou un lugar para sentar. E así que comezaron a andar, chiscoulle un ollo polo espello, conseguindo cambiar toda esta historia e facela case soportable.

 

 

A Matriz

O día que cumprín cinco anos, descubríronlle un cancro a mamá e os médicos dixeron que había que extirparlle a matriz. Foi un día triste. Fomos todos no Subaru de papá ao hospital e agardamos a que o doutor saíse da sala de operacións. Viña con bágoas nos ollos.

-Na miña vida vira unha matriz tan bonita -dixo mentres sacaba a máscara branca da cara -síntome coma un asasino.

É certo que miña nai tiña unha matriz bonita. Tan bonita que o hospital a doou a un museo. E no Shabat fomos alí a propósito e o meu tío fotografounos ao carón dela. Meu pai xa non estaba entón en Israel. Divorciárase de mamá o día despois da operación.

-Unha muller sen matriz non é muller. E un home que queda cunha muller que non é muller, daquela, non é home -díxonos ao meu irmán e a min un intre antes de subir ao avión para Alaska. –Xa o entenderedes cando sexades maiores.

O cuarto no que exhibían a matriz de mamá estaba moi escuro. A única fonte de luz viña da propia matriz, que brillaba coma unha especie de luz suave, coma dentro dos avións cando viaxas de noite. Nas fotos non parecía moita cousa por culpa do flash, pero cando a vin de verdade, entendín perfectamente por qué o doutor choraba.

-Vós viñestes de aquí, -dixo o meu tío mentres sinalaba -fostes coma príncipes aí dentro, crédeme. Vaia nai que tivestes, vaia nai."

Finalmente, a miña nai morreu, finalmente toda a maternidade morreu. E o meu pai chegou a ser un investigador polar e cazador de baleas.

As mozas coas que eu saía sempre se sentían ofendidas cando botaba unha ollada á súa matriz, pensaban que era unha emerxencia xinecolóxica, pero non o atopaban moi romántico. Con todo, unha delas, unha moi, moi boa moza, consentiu en casar comigo. Decidín que os nosos fillos os coidase unha ama de cría, porque os seus choros me puñan nervioso. E eles, de feito, dende que tiñan nove meses aprenderon a lección e deixaron de chorar con tanta insistencia. Ao principio levábaos ao museo polo seu aniversario para amosarlles a matriz da súa avoa, pero non lles impresionaba moito e a miña muller estaba farta diso, así que pouco a pouco comecei a levalos ao cine.

Un día, a grúa levoume o coche, pero como o aparcadoiro da policía estaba xustiño ao carón, cheguei ao museo dun chimpo. A matriz non estaba no lugar habitual, pasárana a un cuarto ao lado cheo de cadros vellos, e cando a ollei de preto vin que estaba cuberta de puntos verdes. Pregunteille ao garda por qué ninguén a limpaba, pero o único que fixo foi encoller os ombros. Supliqueille ao responsable da expoxición que, se non tiña persoal, cando menos deixase que a limpase eu. Pero negouse con crueldade, e dixo que non me estaba permitido traballar no museo porque non pertencía ao cadro de persoal. A miña muller dixo que tiñan toda a razón, e que lle parecía aberrante expor unha matriz nunha institución pública, e amais nun lugar por onde andaban os nenos. Eu, pola contra, non puiden pensar en nada. No fondo sabía que se non entraba no museo, para roubala e coidala, deixaría de ser quen son. Coma o meu pai aquela noite, nas escaleiras do avión, eu sabía de sobra o que tiña que facer. Dous días despois collín a furgoneta do traballo e cheguei ao museo preto das horas de peche. Os cuartos estaban baleiros, pero non me preocupaba dar con alguén. Esa vez cheguei equipado, e á parte diso tiña un plan excelente. O único problema co que me atopei era que desaparecera a propia matriz. O encargado da exposición sorprendeuse bastante ao verme, pero cando lle metín o gatillo da miña nova arma Xericó dentro da gorxa, soltou axiña a información. A matriz fora vendida o día anterior a un filántropo xudeu que pedira que lla mandasen a unha das súas escolas que tiña en Alaska. No camiño, a pleno día, un grupo ecoloxista local secuestrouna. O grupo emitira un comunicado á prensa onde dicía que a matriz estaba en prisión inimiga e, polo tanto, decidira liberala no medio da natureza. Ese grupo ecoloxista, segundo o informe da axencia Reuters, era considerado extremista e perigoso, e todos os seus membros estaban dentro dun barco pirata retirado no que o comandante cazaba baleas. Agradecinlle ao encargado a información e volvín gardar a pistola. De volta a casa atopei todos os semáforos en vermello. Salteinos todos, sen mirar para os espellos retrovisores, tentando desfacer o nó que me atoaba a gorxa e tentei imaxinar a matriz da miña nai no medio dun campo verde cuberto de orballo, bañada por un océano cheo de delfíns e golfiños.

 

O enlouquecemento de Nimrod

Mirón ponse mal da chapleta

En todo o que ten que ver co problema de Mirón, as opinións, como se di, difiren. Os médicos pensan que se debe a unha especie de trauma sufrido mentres facía o servizo militar e que renaceu na súa mente, de súpeto, coma un turullo que asoma do retrete despois de darlle á cisterna. Os seus pais están convencidos de que todo iso é por culpa dos cogomelos alucinóxenos que tragou en Oriente e que fixeron que a súa mente quedase coma unha empanada. O rapaz que o atopou alá e o levou de volta a Israel di que foi por culpa desa holandesa que coñecera en Dharamsala e que lle rompeu o corazón. E o propio Mirón admite que foi por culpa de Deus, quen fai todas as barafundas. Di que se lle pega á cabeza coma un morcego, e dille isto e aquilo, o que sexa con tal de atopar un motivo para pelexar. Para Mirón, despois da creación, Deus estivo varios millóns de anos moi tranquilo. Ata que, de súpeto, apareceu el e comezoulle a facer preguntas, e Deus empezou a se sentir demasiado apertado. Porque Deus en seguida soubo que, ao contrario do resto da humanidade, Mirón non era un miñaxoia. Chegaba con que lle deses media estría para que el a espallase, e Deus, como é ben sabido, gusta moito de repartir, mais non de recibir. E a última cousa que El se pode permitir é un rexeitamento, e aínda menos de alguén como Mirón. E dende o intre en que se deu de conta disto non parou ata volver tolo a Mirón, mandándolle batallóns inimigos, dende malos soños ata mozas que parecían fríxidas, o que fose con tal de acabarlle co sentido.

Os médicos pedíronnos a Uzi e a min que os axudásemos un pouco co caso de Mirón, xa que nos coñeciamos dende que nacemos. Fixéronnos todo tipo de preguntas sobre o servizo, sobre o que pasou con Nimrod. Pero non nos lembrabamos de moito, e ata do pouco que recordabamos non falamos, porque a verdade é que non nos parecían moi boa xente e xa Mirón nos contara varias historias sobre eles, desas que aparecen nos programas rosas da tele. Despois diso, nas horas de visita, Mirón suplicounos que lle levasemos humus da tenda da malvada veciña iemení, porque a comida do sanatorio era a cousa que máis o horrorizaba.

—Xa van tres semanas aquí metido —calculou— e cos catro meses en Oriente, case que levo medio ano sen humus. Xúrovos que non lles desexo semellante cousa nin aos meus peores inimigos.

Entón fomos buscarlle algo. A malvada non quixo prepararnos un humus en pan de pita para levar, «só para comer aquí», rosmou co seu ton diabólico e medio coñazo «isto non é un lugar de comida rápida». Daquela, pedímosllo nun prato e prepáramolo nós co pan de pita. Cando volvemos, a nai de Mirón estaba alí. Díxolle ola a Uzi, pero a min non. Non fala comigo dende hai anos, seica pensa que metín o seu fillo na droga. Non lle dimos o humus diante dela porque tiñamos medo de que llo dixese aos doutores ou algo así. De modo que esperamos a que marchase. En tanto, a comida arrefriaba, pero iso non lle importou a Mirón, que simplemente se botou sobre o pan de pita. Tres días despois disto, liberárono. Os médicos dixeron que a súa reacción ás medicinas fora excelente. Con todo, Mirón segue a porfiar que se debe ao humus.

Uzi perde a cabeza

En xuño baixamos eu e mais Mirón ao Sinaí. Tamén se supuña que ía vir Uzi, pero no último momento deixounos tirados por culpa dunha cita cun alemán dunha compañía de alta tecnoloxía de Dusseldorf que lle podería ofrecer varios millóns por un proxecto na compañía de Uzi. Supúñase que sería unha especie de celebración en honor de Mirón, que xa non se consideraba un toliño, e Uzi sentiuse un pouco mal pola súa infantil atracción polos cartos, e prometeulle que despois da cita viría onda nós.

—Apóstoche o que queiras a que non vén. —díxome Mirón—. Fágoche unha dobre aposta: primeiro, que non virá e, segundo, que en tres meses casa coa Batata.

Eu non quería apostar con Mirón sobre nada, porque todo o que dicía soaba a parvada pero era bastante certo. «Batata» era o alcume da plasta da moza de Uzi, que tamén estaba informada de todos eses negocios virtuais da alta tecnoloxía que Uzi devecía por controlar. Lembro que unha vez nos preguntou por qué lle chamabamos «Batata» e Mirón díxolle algo como que non estaba moi boa a primeira vista pero que por dentro era doce. Uzi non quedou realmente convencido, pero dende aquela non volveu preguntar máis.

Se a vida é unha festa, o Sinaí é, sen dúbida, o chill-out. E incluso eu e Mirón, que pouco fixemos na vida, puidemos apreciar a tranquilidade totalmente zombi do lugar. Na nosa praia había unha chea de desmadrados, e Mirón intentaba achegarse a eles de seguido, con esa típica pose de daquel que estivo moito tempo en Oriente, feito que algo funcionou. Eu non tiña enerxía para esas cousas, nin a coordinación, así que non fixen máis que fumar e fumar herba, contemplei o mar, e dubidei entre pedir para xantar un pancake ou arriscarme cun peixe. Ao mesmo tempo controlaba un pouco a Mirón dende lonxe, para ver se realmente estaba ben. Aínda tiña cousas raras, como, por exemplo, cando se puxo teimudo e quería cagar xunto á tenda de campaña porque estaba moi apampado como para ir ata o restaurante. Pero a verdade é que cousas así xa as facía antes de tolear.

—Paréceme que vou ter algo coa pequena esa do piercing —díxome pola noite despois de chegar do restaurante da praia—. ¿Está boa, eh?

Entón sentamos, fumadísimos, e contemplamos o mar.

—¿Sabes? —díxenlle— ... En toda esa historia da túa hospitalización, creo que eu e Uzi estivemos bastante cool, pero asustáchesnos a hostia.

Mirón encolleu os ombros e díxome:

—Foi moi raro, de súpeto comecei a escoitar voces, falando, cantando. Coma unha radio estragada que non sabes como apagar. Toléache, non podes estar nin un segundo tranquilo. Dígocho eu, sentíame como se alguén tratase de volverme tolo. Ata que, sen máis, parou.

Entón colleu o que quedaba do porro e apagouno na area comentando:

—Direiche outra cousa, sei que isto che soará coma se che desen unha labazada, pero creo que foi Nimrod.

Ao día seguinte, en contra de toda predición, chegou Uzi. Qué mágoa que non apostase con Mirón... En canto Uzi puxo a bolsa na tenda, arrastrounos directamente ao restaurante, comeu unhas luras e contounos cómo lle fora co alemán que, ao final, resultara ser moito máis fácil de convencer do que pensaba, e do contento que estaba de poder estar aí connosco, os seus mellores amigos, no Sinaí, o lugar que máis lle gustaba no mundo. Despois disto volveu á praia berrando con enerxía «¡irmán!» a todo o que se movía e abrazando a todos os beduínos ou exipcios que non daban fuxido del. Cando cansou, Uzi fíxonos xogar ao backgamon, e despois de gañarnos aos dous, venceu tamén a un beduíno, ao que obrigou a camiñar pola praia, a modiño, tralo seu rival calvo, berrando:

—Coidado, rapazas, aí vai o gran Abu Garah.

Mirón tratou de tranquilizalo cunha chupada, pero iso só fixo que Uzi se puxese peor. Intentou ligar con agresividade cunha turista americana de corenta anos, mais desistiu despois dun segundo, comeu tres pancakes, díxonos a Mirón e a min que lle molaba a tranquilidade do lugar, pediu un kebab, e propúxonos ir a nós os tres co seu novo amigo beduíno, que resultou ser un taxista, a xogar no casino de Taba, en Exipto. Mirón púxose totalmente en contra porque cría que tiña oportunidades coa do piercing, pero Uzi estaba tan excitado que Mirón axiña se deu de conta de que non estaba tan saído como para convencer ao outro.

—Sen coñas —díxome Mirón cando entramos no taxi—, este tío está completamente tolo.

No casino de Taba, Abu Garah e o beduíno deron o golpe sen apiadarse de ninguén. Pasaron de mesa en mesa, deixando detrás deles crupiers acabados e arrasando con todo. Entre golpe e golpe, Uzi papaba anacos enormes de torta de mazá e pastel de crema de chocolate. Eu e Mirón sentamos a un lado pacientemente, esperando que cansasen. Pero a verdade é que el seguía poñéndose máis e máis forte. Cando Uzi e o beduíno terminaron coa banca do casino e repartiron os beneficios, collemos o taxi cara á fronteira. Eu e Mirón lembrámoslle a Uzi que deberiamos regresar, pero el non tiña ganas de facernos ningún caso. Para el aínda era moi cedo e non pasaba nada por irmos a unha ou dúas discos en Eilat e volver despois. Antes de separarse deulle a súa tarxeta de visita ao beduíno e bicáronse como oitenta veces. Mirón intentou convencelo de que nos levase de volta á praia e que Uzi continuase só as súas aventuras, pero o beduíno reprendeunos e díxonos que abandonar un amigo excelente como Abu Garah no medio dunha celebración era unha deshonra moi grande, e que el mesmo devecía por continuar connosco, só que tiña prohibido cruzar a fronteira. E despois diso bicounos tamén a nós, entrou no taxi e desapareceu. Cando Uzi cansou da «Spiral» marchamos ao pub «O Iate» e de aí ao hotel que chaman «Blue» non sei qué, e só entón, despois de que eu e Mirón rexeitaramos enerxicamente dúas veces a súa proposta de invitar a dúas desas mulleres de compañía ao cuarto, Uzi deu a volta sobre o estómago e comezou a roncar.

Dende esa viaxe ao Sinaí, as compañías de Uzi comezaron a facerse máis confusas. Amais do parvo do alemán, Uzi atopou outros dous, un americano e outro indio, e parecía como se fose comer o mundo enteiro. Mirón dixo que iso só amosaba qué tolos estaban eses homes de negocios. A verdade é que dende que Uzi bateou coa cordura púxose máis e máis desagradable. Ás veces intentabamos levalo connosco á praia ou aos billares, pero mesmo cando viña estaba tan ocupado todo o tempo contando cómo se divertía e o marabilloso que era que estiveramos todos xuntos mentres revisaba as mensaxes no móbil, que despois dunha hora con el perdías as ganas de estar alí.

—Non te preocupes, xa se lle pasará —díxenlle a Mirón intentando tranquilizalo ao tempo que Uzi era absorbido por unha conferencia transatlántica xusto cando lle tocaba darlle unha chupada.

—Seguro —contestou Mirón co ton dun ex-tolo ben entendido no tema— e se é certo que isto está dando voltas, ti es o seguinte.

O dono da casa tolea

Pola mañá levanteime totalmente asustado. Nin sequera sabía o motivo. Apertei as costas contra o colchón e intentei moverme o menos posible ata que puidese entender qué era o que me daba tanto medo. Pero así como pasaba o tempo, sen conseguir dar cunha razón, a preocupación non facía máis que seguir a medrar. E eu, aínda tombado conxelado na cama, díxenme a min mesmo en segunda persoa, co ton máis acalmado que puiden:

—Tranquilízate, home, tranquilízate. Isto non é certo, non está máis que na túa cabeza.

Pero a idea de que a cousa esa, fose o que fose, estaba dentro da miña cabeza aterrábame mil veces máis. Decidín dicirme a min mesmo o meu nome varias veces seguidas. Estaba seguro de que iso me calmaría. Pero incluso o meu nome desaparecera de súpeto. Con todo, foi precisamente iso o que me fixo levantar. Arrastreime pola casa, buscando facturas, correo, algo onde estivese escrito o meu nome. Abrín a porta da entrada e mirei cara a outra parte, onde había un adhesivo laranxa coa inscrición «¡Qué teñas unha boa vida!». No vestíbulo escoitábanse risos estrondosos de nenos e pisadas achegándose. Pechei a porta e apoieime contra ela.

—Reláxate, nun minuto lembrarás, ou non, quizais nunca tiveches un nome. Sexa como sexa, isto non explica por qué estás a suar tanto, por qué o pulso está a golpearche na cabeza, non é iso, e outra cousa. Tranquilízate —murmurei para min mesmo outra vez—. Tranquilízate, cómo non vas ter nome. Isto non pode continuar así moito tempo, rematará de contado.

Cando todo se calmou un pouco chamei a Uzi e a Mirón e quedei con eles na praia. Só estaba a catrocentos metros da casa e lembraba o camiño sen problemas, aínda que todas as rúas parecían, de súpeto, diferentes e tiven que parar para comprobar que os sinais eran os correctos. Non só as rúas, todo parecía distinto, mesmo o ceo era como agoniante e pequerrecho.

—Díxenche que xa che chegaría o momento —díxome Mirón mentres chuchaba o vermello do seu Twister conxelado—, primeiro toleei eu e despois Uzi.

—Eu non me volvín tolo, —protestou Uzi —nada máis que estaba un pouco colocado.

—Chámao como queiras —continuou Mirón— agora tócache a ti.

—Tampouco Ron está tolo —dixo Uzi comezando a quentarse—, ¿por qué non paras de meterlle cousas na cabeza?

—¿Ron? —preguntei —¿Chámome así?

—Sabes qué —dixo Uzi resignado—, ao mellor un pouquiño tolo. Dáme un bocadiño.

Mirón deulle o xeado, sabendo de sobra que non o volvería ver n vida e preguntoume:

—Dime, cando che comezou, ¿non sentiches a alguén na túa cabeza?

—Non sei —dubidei—, pode ser.

—Dígocho eu —murmurou Mirón como contando un segredo—. Eu sentino, díxome cousas que só el sabía. Estou seguro que foi Nimrod.

A tolemia de Nimrod

Ata os doce anos Nimrod fora unha merda de persoa. Desa clase de nenos mexeriqueiros que se non foses o teu mellor amigo teríante farto a labazadas. E entón un día, un pouco antes da bar-mitzva, puxéronlle soletas nos zapatos e, como quen non quere a cousa, fíxose unha nova persoa. A verdade é que Mirón, Uzi e máis eu eramos amigos de Nimrod dende moito antes diso, pero ao que comezou a ser un rapaz agradable, foi estupendo ser amigo del.

Despois, no bacharelato, eu e Uzi fomos ao colexio, mentres Mirón e Nimrod estudaron a distancia e, basicamente, foron á praia. Ao acabar chegou a mili. Mirón incorporouse a filas medio ano antes ca nós e cando chegamos xa lles fixera bastante a pelota como para conseguir que todos nós estiveramos na mesma unidade ca el. Nimrod chamáballe a isto «acolchar a colcha», xa que estaba preto da naiciña e da casa.

A maior parte do tempo non faciamos nada, á parte de sentar na cantina, ameazando con queixarnos dos nosos comandantes e marchar para casa ás cinco. Por outra banda, Uzbi adoitaba facer surf no Sheraton, eu pasaba o día masturbándome, Mirón estudaba algunhas materias da universidade a distancia e Nimrod quedaba coa noiva. A noiva de Nimrod pagaba a pena e como todos menos el eramos virxes, para nós era aínda catro veces mellor. Lémbrome que unha vez lle preguntei a Mirón qué faría no caso hipotético de que ela fose durmir con el á casa e lle pedise que a follase. E Mirón díxome que non sabía, pero que, pasase o que pasase, despois arrepentiríase toda a vida, que é unha boa resposta, pero como o coñezo ben, estou seguro de que optaría por follala e que deixaría a opción do arrepentimento para un segundo lugar.

Pero para Nimrod non era simplemente que se puña quente con ela, senón que estaba namorado. Chamábase Neta, que é un nome que aínda hoxe me gusta, e era auxiliar de médico na enfermería. Nimrod dixérame unha vez que podía deitarse na cama durante horas ao seu carón sen aburrirse, e que o lugar onde máis lle gustaba que lle tocase era o sitio ese na planta do pé onde todos teñen un arco pero que no seu caso é plano.

Tiñamos que facer garda na base dúas veces ao mes e unha vez cada dous tiñamos que ficar durante a fin de semana. Porén, Nimrod sempre conseguía coincidir co servizo de Neta na enfermería, e así ata nas gardas estaban xuntos. Despois dun ano e medio, deixouno. Foi unha especie de rotura estraña, nin sequera ela puido explicar realmente o por qué, e a Nimrod deixou de preocuparlle cando lle tocaban as gardas. Un sábado quedamos xuntos Mirón, Nimrod e eu. Uzi conseguira falsificar unha especie de carta de excepción. Estivemos no mesmo coche patrulla, Mirón primeiro, Nimrod segundo e eu terceiro. E un pouco antes de que me tocase substituír a Nimrod, entrou un oficial histérico ao cuarto das gardas e dixo que o que estaba patrullando se disparara un tiro na cabeza.

Segunda volta

A segunda vez que Mirón toleou foi moito máis agradable. Non lles dixemos nada aos seus pais, só me fun vivir con el ata que se lle pasase. A maior parte do tempo estaba calado, sentado nun recuncho, escribindo unha especie de libro para si mesmo e que se supuña acabaría por substituír á Biblia. Ás veces, cando se acababan as cervexas na neveira ou os cigarros, insultábame un pouco, con convición, e dicía que eu era o mesmo demo que lle fora mandado baixo a forma dun amigo para atormentalo. Pero amais diso soportábase bastante ben. Uzi, pola outra banda, levou moi mal o seu período de cordura continuada. A pesar de non admitilo, parece que non lle quedou máis remedio cando esa compañía internacional tan próspera o sacou de todos os problemas. De calquera xeito, cando estaba nun período de loucura tiña moita máis enerxía para escribir toda clase de documentos aburridos e acudir a citas monótonas. E agora que estaba un chisco máis cordo, toda a historia esa do home de negocios era un pouco molesta, aínda que parecía que a compañía axiña entraría en bolsa, e el ía obter uns cantos millóns sen mover un dedo. A min despedíronme do traballo, e Mirón, atravesando unha etapa brillante de aforro en cervexas e cigarros baratos alegou que el era o culpable do meu despido, por culpa dos seus incomprensibles poderes espirituais. Non sei, quizais todos eses traballos non sexan para min, e simplemente necesito esperar pacientemente a que Uzi se faga rico e me dea algo.

A segunda vez que Uzi deu en tolear probou definitivamente que había unha especie de rotación e eu comecei a sentir a presión porque sabía que sería o próximo. Mirón, que ao final se calmou, seguiu insistindo en que todo tiña algo que ver con Nimrod.

—Non sei exactamente o que quere, quizais que o vinguemos ou algo así. Pero de todos os xeitos, ata que non o fagamos, sexa o que sexa, paréceme que non parará.

—¿Vingar que? preguntei, atacando a MirónNimrod suicidouse.

¿De onde sacas iso? insistiu MirónPode ser que o matasen. Amais, quizais non sexa unha vinganza exactamente. Ao mellor non é máis que algo que quere que se faga para poder descansar en paz. Xa sabes, como nesas pelis de terror onde uns abren unhas cervexas sobre unha tumba e ata que non marchan de alí a alma do morto non pode descansar.

Ao final decidimos ir eu e mais Mirón ao cemiterio de Kiriat Shaul para comprobar que ninguén decidira montar, por equivocación, un punto de venda de auga mineral e cola sobre a tumba de Nimrod. O único motivo polo que aceptei ir con Mirón foi que me agoniaba a idea de que eu sería o seguinte. A verdade é que de nós os tres a miña tolemia foi a menos divertida.

A tumba de Nimrod estaba coma a deixaramos. Xa había seis anos que non pasabamos por alí. Ao primeiro, no día en lembranza dos soldados caídos, a súa nai chamábanos. Pero con todos eses rabinos militares e as tías desmaiándose un ano tras outro, non nos apetecía moito volver. Repetiamos todo o tempo que iríamos outro día, unha especie de día en lembranza da nosa amizade, pero sempre o atrasabamos. A última vez que falamos diso, Uzi dixo que sempre que iamos xuntos ao billar ou ao cine ou simplemente a un pub, tamén era un día en lembranza de Nimrod, porque os tres estabamos xuntos, e mesmo se non pensabamos exactamente nel, estaba alí.

Levounos como unha hora a Mirón e a min atopar a tumba, que estaba ben coidada e limpa, cunhas cantas pedras pequenas espalladas sobre ela, como marca a tradición xudía, proba de que xa alguén estivera alí non había moito. Mirei as datas nas lápidas e pensei que eu moi axiña faría os trinta e que Nimrod aínda non tiña dezanove. Pareceume un pouco estraño porque, dalgún xeito, sempre que penso nel ten a miña idade, cando en realidade eu estou medio calvo e el non é máis que un neno. Cando saímos devolvemos as kipás de cartón á caixa que estaba na porta e Mirón díxome que non tiña máis ideas, pero que sempre quedaba a posibilidade de facer unha sesión de espiritismo. Fóra do cemiterio, do outro lado da reixa, había un gato gordo e peludo mastigando un anaco de carne. Mireino e el, como se o sentise, ergueu a mirada do cacho de carne, miroume e sorriume. O sorriso era cruel e derramaba certa malicia, e volveu mascar a carne sen sacarme o ollo de encima. Sentín cómo o medo comezaba a gotear polo meu corpo, dende a parte dura do meu cerebro ata a parte branda dos ósos. Mirón nin se deu de conta de que algo non moi bo me estaba a pasar, e seguiu falando.

—Espera, Ron dixen para min, provocando que a lembranza do meu nome me puxese tan feliz que ata choreirespira fondo, non te desesperes. O que teña que ser será, pasará nun intre.

Nese mesmo instante, na fedorenta oficina duns avogados de Petah Tikva, Uzi botouse para atrás nunha transacción que pasaría, a unha descoñecida empresa investidora polaca, o trinta por cento das ganancias da súa compañía a cambio dun millón e medio de dólares. Pensádeo, se tolease outro cuarto de hora, podería levarnos a nós e á Batata a un cruceiro polo Caribe. E en vez diso volveu de Petah Tikva á casa no autobús 54 cun depravado condutor que non quixo acender o aire acondicionado.

Tri-li-li-li-la

Cando Uzi nos anunciou que ía casar coa Batata, nin sequera intentamos discutir. Dalgún xeito xa sabiamos que pasaría. Uzi mentiunos e díxonos que fora idea súa e que o facía, basicamente, para que o banco lle concedese unha hipoteca para un apartamento que planeaba comprar, fose como fose, nun lugar preto de Netania.

—¿Como casas con ela? intentou razoar Mirón, aínda que sen moita conviciónnin sequera a amas.

¿Como podes dicir que non a amo? protestou UziXa levamos tres anos xuntos, ¿sabes que nunca lle puxen os cornos?

—Iso non é porque a amas díxolle Mirón—, non é máis que porque non tes coordinación.

Estabamos xogando precisamente ao billar, e Uzi machucounos con eses golpes efectivos de alguén que decide aproveitar ao máximo a súa sorte, rápido, antes de que acabe desaparecendo. Só quedaba a bola negra sobre a mesa, e tocáballe tirar a Uzi.

—Fagamos unha aposta propúxenlle a Uzi nun acto de desesperación, se metes a negra agora, eu e Mirón deixamos de chamala «Batata», ti gañas. E se fallas, entón retrasas toda esa historia da voda un ano.

Non estou disposto a apostar sobre cousas que teñen que ver cos sentimentos, admitiu Uzi metendo a negra no buraco máis achegado cun golpe sinxelo. Á parte diso sorriu, é demasiado tarde, xa imprimimos as invitacións.

—¿Como puideches facerlle semellante aposta? reprochoume Mirón despoisO tiro era demasiado doado.

Ata ese día, Uzi conseguiu poñerse tolo dúas veces máis, e en ambas as dúas ocasións dixo que ía cancelar todo, pero arrepentiuse inmediatamente. Eu, namentres, fun vivir ao apartamento de Mirón. Agora que estabamos tolos a maior parte do tempo, era moito máis agradable vivir xuntos. Amais, non tiña moitos cartos para manter o meu apartamento. Mirón roubáralle un paquete enorme de invitacións de voda a Uzi, e usabámolas como filtros para os porros.

—¿Como podes casar con alguén que ten unha nai chamada Tirtza? dicíalle Mirón a Uzi cada vez que fumabamos xuntos un canuto, mentres Uzi non facía máis que mirar para o teito e rir co riso de fumado. A verdade é que incluso eu, que estaba do lado de Mirón neste caso, sentía que non había nada que discutir.

Tres días antes da voda tivemos unha sesión de espiritismo. Mercamos unha cartolina celeste, escribín todas as letras cun rotulador negro, e Mirón levou un deses vasos de café baratos da cociña, dicindo que xa o tiña dende había moito tempo, da casa dos seus pais, e que estaba seguro de que Nimrod bebera por el. Apagamos todas as luces da casa e puxemos o vaso no medio do cartón. Cada un puxo un dedo enriba e agardamos. Despois de cinco minutos, Uzi fartouse e díxonos que tiña que cagar. Acendeu as luces do salón, atopou un xornal deportivo de había unha semana e fechouse con el no baño. Namentres, eu e Mirón fumamos un cigarro. Pregunteille a Mirón se pensaba que o conseguiría e se movería o vaso como el cría que o faría. E Mirón enfadouse e dixo que aínda non, non o conseguira, e que porque Uzi se aburría de todo moi rápido non quería dicir que non pasaría nada. Cando por fin Uzi saíu do baño Mirón apagou as luces de novo e pediunos concentración. Puxemos o dedo sobre o vaso outra vez e esperamos. Non pasou nada. Mirón insistiu en seguir intentándoo, e ninguén tivo moitas forzas para discutir con el. Despois duns minutos, o vaso comezou a moverse. Ao primeiro lentamente, pero despois duns segundos apurando, movéndose por todo o taboleiro. Mirón deixou o dedo sobre o vaso á vez que anotaba, coa outra man, todas as letras onde se paraba. T-r-i-l-i-l-i-l-i-l-a apuntou o vaso parando suavemente sobre o símbolo de exclamación que estaba na esquina dereita da folla. Esperamos un pouco máis e non pasou nada. Uzi prendeu a luz.

—Tri-li-li-li-la, ¿eh? dixo molesto¿Estamos no parvulario ou que? Movíchelo ti, Mirón, non te fagas o axente Mulder comigo. ¿Tri-li-li-li-la? A puta hostia, vale. Estou morto de cansazo, hoxe levanteime ás sete. Vou durmir con Liraz.

Liraz era o nome da Batata, que vivía moi cerca. Mirón seguiu mirando a folla coas letras que escribira, despois que Uzi marchou e eu lin un pouco do diario deportivo que Uzi levara con el para o baño, e cando rematei de lelo todo díxenlle a Mirón que ía botar unha cabezadiña. Mirón díxome que estaba ben, pero que antes diso só quería intentar outra vez máis a cousa esa co vaso, porque estaba a darlle voltas ao tri-li-li-li-la ese e non lle dicía nada. Así que apagamos as luces de novo e colocamos o vaso. Esta vez comezou a moverse inmediatamente, e Mirón apuntou as letras. N-o-n-m-e-d-e-i-x-e-s-s-o sinalou o vaso, parando entón de novo.

Noraboa

A voda foi horrorosa, cun rabino que se cría comediante e un pincha discos que puxo a Enrique Iglesias e a Celine Dione. Mirón coñeceu alí unha rapaza cunha voz irritante pero cun corpo impresionante. Despois da cerimonia incluso conseguiu preocupar a Uzi por un segundo ao dicirlle que o vaso que rompera en símbolo de alianza era o que utilizaramos para facer espiritismo con Nimrod. Ao mesmo tempo, eu tiven un dos meus ataques de ansiedade, e trousei no baño como dous quilos de burecas de espinacas.

Esa mesma noite Uzi e a Batata marcharon de lúa de mel ás illas Seicheles. Eu e Mirón sentamos no balcón bebendo café. Mirón tiña agora unha nova idea: sempre que preparase café tamén prepararía un instantáneo para Nimrod, no vaso do espiritismo, e poñeríao sobre a mesa, coma o vaso de Pascua que se deixa sobre a mesa para o profeta Elías, e cando remataramos de beber tiraríao polo vertedoiro. Mirón fixo unha imitación do pincha discos e eu rin. A verdade é que estabamos demasiado aburridos. Podería chamarse chauvinista, capitalista, egocéntrico, moitos nomes, pero toda a historia da voda pesábanos como vinte toneladas. Pedinlle a Mirón que me lera un capítulo do seu libro, ese que escribe cando tolea e que se supón que substituirá á Biblia. A verdade é que lle preguntei un millón de veces e nunca quixo lerme nada. Cando está tolo ten medo de que lle rouben as ideas, e cando está san dálle vergoña.

—Veña díxenlle, le só un capítulo, como unha especie de conto antes de durmir.

E Mirón estaba tan deprimido que aceptou e sacou as follas esborranchadas do caixón dos zapatos. Antes de comezar a ler miroume e díxome:

—Xa sabes que agora só quedamos os dous. Quero dicir, Uzi seguirá sendo o noso amigo e todo, pero xa non será parte das voltas que lle da a cabeza de Nimrod.

—¿De onde sacas iso? protestei, aínda que no fondo xa pensara antes que así era.

—Escoita dixo Mirón, incluso Nimrod sabe que non está ben molestar a alguén que está casado. Tamén o feito de que nos puxera tolos non sempre está ben, pero a verdade é que el non nolo faría se non soubese que no fondo estamos de acordo. Non hai que facerlle, estamos fodidos, Ron. Non quedamos máis ca eu e ti, unha semana dentro e unha semana fóra, coma nas tarefas da cociña.

Mirón puxo a un lado a morea de follas e aclarou a gorxa, coma o locutor dun noticiario que se atragoa no medio das novas.

—¿E se un de nós marcha de repente? pregunteille.

¿Marchar? preguntoume Mirón, confuso, levantando a cabeza das follas¿a onde?

Non sei sorrín, nada. Imaxina que mañá achégaseme a nena máis sexy da miña vida, namorámonos e caso con ela. Daquela quedarías ti coa loucura de Nimrod a tempo completo, ti só.

—¡Guau! exclamou Mirón acabando dun grolo o que quedaba do caféqué sorte que sexas tan feo.

 

 

 

O lugar de veraneo de Kneller

Penso que ela chorou no meu funeral, non quero pecar de arrogante, pero estou case seguro. Ás veces consigo imaxinar perfectamente cómo fala sobre min con alguén que atopa relacionado coa miña morte. Sobre cómo nunca o conseguimos verdadeiramente. E despois diso fódea; iso é todo: unha fodenda.

 

Capítulo primeiro

Aquí Haim atopa traballo e un pub de moda

Dous días despois de suicidarme, atopei traballo aquí, nunha pizzería chamada «Kamikaze», sucursal dunha gran cadea. A encargada das quendas foi boísima comigo e axudoume a arranxar un apartamento cun compañeiro de piso, un alemán que tamén está empregado aquí. O traballo non é gran cousa, pero en canto ao tema do horario non é realmente malo, e o lugar, non sei, sempre que falaban da vida despois da morte, sobre o que é e o que non, e esas cousas, eu nunca tiven unha idea clara. Pero si é certo que pensaba algo, e sempre soñaba con sons así, como de sonar, e con homes flotando no espazo, e aquí, non sei, máis que nada todo isto fai que me lembre do centro de Tel Aviv. Con todo, o meu compañeiro de piso, o alemán, díxome que este lugar é unha copia de Frankfurt. Parece ser que Frankfurt tamén é bastante lúgubre.

Pola noite atopei aquí un pub, a verdade é que está bastante ben. Chámase «Cafeta Natos». A música non é nada mala. Quizais non sexa a máis moderna, pero ten estilo, e entran moitas rapazas soas. A algunhas delas pódeselle ver cómo morreron, con cicatrices nas articulacións e cousas así, pero outras están realmente boas. A verdade é que a miña primeira noite aquí unha rapaza fíxome olliños; era coma un pau de virar tripas, coa pel un pouco solta, feble, como a de alguén que morrera afogado, pero ó corpo daríalle un dez, e tamén ós ollos. Porén, non conseguín entrarlle. No fondo díxenme que era por culpa de Erga, que esta morte só me fixera que a amase aínda máis, pero vai ti saber, ao mellor é que estou reprimido e nada máis.

 

Capítulo segundo

Aquí Haim atópase cun amigo de verdade e pérdeo nos billares

Coñecín a Ari Gelfand na «Cafeta Natos» case por error. Era moi amigable e invitoume a unha cervexa, feito que me impresionou moito. Estaba seguro de que intentaría darme un golpe ou algo polo estilo, pero axiña entendín que non era do meu estilo, que simplemente estaba aburrido. Tiña uns cantos anos máis ca min e estaba algo calvo, o que facía máis visible a pequena marca do burato de entrada da bala ao lado da sen dereita, e tamén o burato de saída xunto á sen esquerda, que era moito máis grande. «Atención, atención», dixo Gelfand chiscando un ollo ás dúas mozas apoiadas na barra que bebían Cola de dieta, xusto ao noso carón, «se xa, pois xa». Só despois que esas dúas marcharon á mesa dun louro de coleta confesou que comezara a falar comigo porque pensaba que ía con elas.

—Non é que cambie nada —dixo dando unha cabezadiña, como de consolación e frustración, contra a barra—, de calquera xeito, aínda que mas presentases, ao final irían co louro ese. Éche así, a mesma cousa con todas as mozas que intentei coñecer, sempre había un louriño esperándoas nalgún lugar. Pero que non penses nin por un segundo que iso me fixo un home resentido, un pouco desesperado ao mellor, pero non resentido.

Despois doutras catro cervexas fomos xogar ao billar e Ari faloume de si mesmo. Estaba claro que vivía cos seus pais, un feito bastante infrecuente, non moi lonxe de min. Aquí, a maioría da xente vive soa, como máximo coa noiva ou cun compañeiro de piso. Os pais de Ari suicidáranse cinco anos antes. A nai enfermara dalgunha cousa, e o pai non quixo quedar só, sen ela. Mesmo o seu irmán pequeno, que chegara non había moito, vivía con eles. Tamén el se pegara un tiro estando en medio do adestramento básico co exército.

—Non está ben que o diga —sorriu Ari mentres gardaba a bala negra no peto esquerdo—, pero alegrounos moito que viñese. Necesitaba ver ao meu pai, un home ao que se lle petaban cun martelo de cinco quilos na perna nin sequera pestanexaba. Con todo, abrazou ao meu irmán pequeno e púxose a chorar coma un neno.

Capítulo terceiro

Aquí Kourt comeza a chorar coma un neno e Haim empeza a cansarse

Dende o día en que coñecín a Ari, andamos toda a noite de pubs. Apenas hai tres aquí, e propuxémonos ir a todos, para estar seguros de que non perdiamos nin un. Ao final sempre rematabamos na "cafeta Natos" que era o mellor e tamén o que abría ata máis tarde. A saída de onte foi bastante merdoñenta, xa que Ari levou a ese amigo seu, Kourt, que foi o solista de «Nirvana». Ari rise moito del, e a verdade é que é un pouco pesadiño. Non é que eu estea moi contento aquí, pero el está protestando todo o tempo, e así que empeza xa é imposible paralo. Calquera cousa que se diga sempre lle fai lembrar algunha desas cancións que escribiu e entón ten que recitarcha para que admires a letra. Ás veces mesmo se presenta ao camareiro e pídelle que poña unha canción súa e daquela xa non sabes onde agocharte. A verdade é que non son eu o único, pois cáelles mal a todos menos a Ari. Penso que ten certa culpa o feito de que aparecese xusto despois de morrer, con todas as dores que iso provoca, e claro, non sabedes cánto doe. A última cousa que che apetece é estar con alguén que non fai máis que cantar canto lle peta. Esas historias tócanche un pouco os collóns, preferiría quedar vivo co póster deprimente de Nick Cave sobre a cama cantando unha das súas melodramáticas baladas en vez de estar aquí. Pero a verdade é que non é el o único, onte desesperoume. Tamén por culpa do traballo na pizzería e todas esas voltas, xa empezo a estar un pouco farto de todo. Ver toda a noite ás mesmas persoas bebendo refrescos sen gas que incluso cando te miran fixamente sentes como se estivesen simplemente a observar. Non sei, quizais sexa un pouco pesimista, pero cando os miras, incluso nos momentos máis interesantes, cando se bican ou bailan ou se están a divertir contigo, dalgún xeito sempre están así. Como se non houbese no que prestar atención, coma se ninguén fose realmente importante.

 

Capítulo cuarto

Cea cos Gelfand

O venres Ari invitoume a cear cos seus pais.

—Oito da noite dixo—, e non chegues tarde. Haberá chulent.

O apartamento dos Gelfand era como calquera outro piso polaco, con estantes de madeira que o pai de Ari fixera só e paredes que roubara do inferno. A verdade é que non me apetecía moito ir. Os pais sempre impoñen unha influencia negativa sobre min acerca dos seus fillos, non sei por qué. Lémbrome da primeira vez que fun cear coa familia de Erga. Durante toda a comida o seu pai observoume coa mirada típica dun examinador que me vai suspender e logo, á hora de fregar, insinuou, como quen non quere a cousa, que eu intentaba meter a súa filla nas drogas.

—Sei cómo é—, sorriume con ese típico sorriso que pon un policía xusto antes de conseguir unha detención, «eu tamén fun mozo unha vez. Ides a unha festa, bailades un pouco, quéntase o ambiente e entón métela nun cuarto e proposlle fumar un poto.

—Porro—, intentei corrixilo.

—Como queira que lle chamen... ¿sabes que, Haim? Quizais pareza un pouco inocente pero coñezo de sobra todos os trucos.

A sorte máis grande que tiven coa familia Gelfand foi que os fillos estaban tan dispersos que os pais xa nin tiñan de que preocuparse. Contentábanse moito cando ía, e sempre intentaban facerme estoupar coa comida. Hai algo agradable na comida caseira, é difícil de explicar, pero hai algo unitemporal, un sentimento. Como se o teu estómago soubese discernir qué comida non pagas, esa que alguén prepara como de forma obrigada. E o meu estómago, despois de todas as pizzas, a comida chinesa e a comida para levar que traguei dende que cheguei sabe apreciar eses xestos e esparexer unha onda de calor que envía de cando en vez en dirección ao peito.

—A nosa nai é unha gran princesiña —comentou Ari abrazando a súa nai pequerrechiña, unha aperta agarimosa, mais sen deixar un intre os cubertos. E ela riu, e preguntou se queriamos un pouco máis de kishkes, feito que aproveitou o pai para contar outro chiste malo, e nese mesmo instante, de súpeto, botei de menos aos meus pais, e recordei o que tiña que aguantar antes de morrer e cómo facían que me avergoñase.

 

Capítulo quinto

Aquí Haim e o irmán pequeno dos Gelfand lavan a louza

Despois da comida sentei coa familia Gelfand no salón. O pai de Ari prendeu a televisión nun programa de entretemento aburrido e non parou de maldicir á xente que aparecía alí. Ari, que pode ser que liquidase unha botella enteira de viño durante a comida, tombouse a durmir no sofá. Era aburridísimo, e eu e Raanan, o irmán pequeno de Ari, ofrecémonos voluntarios para limpar os pratos, a pesar das protestas da nai. Raanan lavaba e eu secaba. Pregunteille qué tal se adaptaba alí, porque sabía que morrera non había moito e a maioría da xente que chega aquí dálle unha especie de shock, cando menos ao principio. Raanan colleume dos ombros e dixo que cría que bastante ben.

—Se non fose por Ari —dixo—, tería chegado aquí xa hai tempo.

Rematamos de limpar toda a louza e comezamos a colocala nos mobles. Raanan contoume unha historia estraña: cómo unha vez, cando tiña dez anos, fora só, en taxi, ver o derby de Petah Tikva. Daquela era seguidor do Macabi, incluso tiña gorra, bufanda e a equipaxe completa. Durante todo o partido estiveron na porta do Hapoel, que nin sequera conseguira dar dous pases. E entón, a oito minutos do remate, Hapoel, no seu único ataque en todo o partido, meteu un gol fóra de xogo. Non estaba precisamente no límite, senón que fora un fóra de xogo escandaloso, deses aos que dedican despois, na televisión, un bo cacho para a discusión. Os xogadores do Macabi aínda intentaron discutir pero o árbitro confirmou a posición regulamentaria. O Hapoel gañou e Raanan volveu a casa indignado e desanimado. Nesa época, Ari exercitábase todo o tempo, porque quería meterse nun equipo de alí, do que era un incondicional. Xa na casa, Raanan colleu a corda de saltar do irmán, fixo un pequeno nó e atouna con forza nas barras horizontais que Ari colocara no xardín. Despois diso chamou a Ari, que estaba precisamente intentando estudar para as probas de selectivo ou as de calquera tipo de acceso á Universidade ou o que houbese, e contoulle toda a historia sobre o partido, e o gol e a gran inxustiza que provocara. Logo amosoulle a Ari a corda pendurando das barras horizontais e explicoulle que non tiña ganas ningunhas de seguir nun mundo tan inxusto, onde o equipo que queres pode perder sen ningún motivo e incluso sen merecelo. E que lle contaba iso a el porque cría que era a persoa máis intelixente que coñecía, e por iso, se non era quen de atopar de inmediato unha boa razón para vivir, daquela acabaría con todo, e punto. Mentres Raanan falaba, Ari non dixo nin palabra, e incluso cando estaba a punto de dicir algo, continuou calado, e en vez de falar fixo un movemento cara á diante e deulle tal labazada a Raanan que o lanzou dous metros, e despois virouse e regresou ao seu cuarto a estudar para o exame. Raanan dixo que lle custara un tempo recuperarse do golpe, pero que tras erguerse desatou a corda das barras, devolveuna ao seu lugar e foise duchar, e dende entón non falou máis con Ari sobre a importancia da vida.

—Non sei realmente o que quixo dicirme con esa labazada —riu Raanan mentres secaba as mans nunha toalla—. Fose o que fose, surtiu efecto ata o adestramento básico no exército.

 

Capítulo sexto

Aquí Haim deixou de saír e comezou a entolecer

Xa hai case dúas semanas que non saio polas noites. Ari precisamente chámame todos os días, prometéndome rapazas cachondas e pasalo ben, e que non traerá a Kourt, pero non teño ganas. Aos tres días veume visitar a iso das tres da mañá. Bebeume a cervexa que tiña na neveira e contoume unha historia graciosa que me perdera no pub, ou faloume dunha camareira que case se fora con el, dándome todo luxo de detalles, coma un neno que lle leva as sobras a un amigo enfermo. E ao final, antes de marchar, intentou convencerme para que baixara con el tomar un cafeciño como sobremesa. Onte expliqueille que non vai comigo iso de saír todo o tempo, que ao final non tiña nada con ningunha desas mozas totalmente saídas, e que volvía a casa todo esfarrapado.

—Así non estás esfarrapado —dixo Ari cun ton duro—, mírate, sentado toda a mañá fronte ao televisor coma un mandril. Enténdeo, Haim, iso de que non pase nada, é un axioma. Pero aínda que non pase, cando menos estar onde hai nenas e música, ¿non é?

Cando marchou intentei continuar lendo o libro que lle collera ao meu compañeiro alemán. Pasáballe algo deprimente a un enfermo de tuberculose e marchaba, para morrer, a algún lugar en Italia. Na páxina vintetrés rendinme e prendín a televisión. Había unha especie de concurso, deses que levan xente que morrera no mesmo día, e todos eles explicaban por qué o fixeran, pero dun xeito divertido, contando qué farían se gañaban o primeiro premio, se o conseguían. E pensei para min que Ari tiña razón, e que quedar na casa non era unha aventura moi grande, e que se non facía outra cousa en seguida me volvería tolo.

 

Capítulo sétimo

Aquí Haim frustra un roubo non intencionado e case gaña un premio

O día en que todo comeza a cambiar iniciouse cun roubo que eu conseguín frustrar. Sei que soa un pouco contraditorio, pero pasou de verdade. Xusto acababa de facer a compra cando bateu comigo un tipo gordo, rubio cunha cicatriz no pescozo. Caéronlle do abrigo unhas vinte comidas preparadas a punto de se derreter. Quedamos un fronte ao outro conxelados. Penso que, dos dous, eu parecía un pouco máis confuso. A caixeira que estaba ao noso carón berrou:

—¡Tzadok, vén rápido! ¡Un ladrón! ¡Un ladrón!

Quixen pedirlle desculpas ao gordo, dicirlle que estaba contento por el, xa que non era realmente gordo, só eran as comidas que agochaba baixo o abrigo que me confundiran, e que a próxima vez que levase algo que collese máis verduras, porque a carne, non sei cómo, sempre se esmaga e deixa todo mollado. Pero en vez de todo iso non fixen máis que tirarlle dos ombros. E o gordo, que a verdade é que agora parecía delgado, tamén tirou dos seus ombros do xeito que só pode facer alguén que rompeu o pescozo algunha vez, e foise de alí. Un minuto despois chegou Tzadok cun pau na man, e sorprendeuse ao ver todas as comidas espalladas polo chan.

—¿Como? —Axeonllouse murmurándome a min e ás ervellas conxeladas que estaban esparexidas polo chan— ¿Como pode unha persoa facer semellante cousa? Tanto ten que roube, pero pisar a musaca..., ¿para que lle serve iso?

Sen tempo para escapar, chegou a caixeira e abrazoume.

—Qué sorte —díxome—, qué sorte que estiveses aquí. Ves, Tzadok, este é o señor que detivo ao ladrón.

—Estupendo— murmurou Tzadok sen apartar os ollos da musaca esmagada—, estupendo, a rede de tendas Super-deal agradécello, se me segue á oficina e deixa os seus datos persoais...

—É posible —interrompeu a caixeira—, que reciba un premio.

Namentres, Tzadok recolleu as comidas e intentou recompoñer a desfeita. Devolvinlle o sorriso á caixeira e agradecinlle de verdade o que fixera e díxenlle que non era necesario, e que tiña moita présa.

—¿Está seguro? —preguntou decepcionada —é un premio bastante merecido. Unha fin se semana para dous nun hotel.

Cando lle contei isto, despois, a Gelfand, case estoupa.

—¡Unha fin se semana para dous nun hotel, eh! —exclamou mentres mondaba un plátano— é imposible ser máis noxentamente directa. O que quería a rapaza era ligar contigo.

—Qué parvada, —dixen —non é máis que a política da empresa.

—¿Como estaba? —preguntou Gelfand sen facer caso ao que lle dicía, —¿sexy?

—Non estaba mal pero...

—Non hai peros que vallan —persistiu Gelfand—, xa abonda. ¿Que tempo ten?

—Vintecinco —supuxen.

—¿Cicatrices pronunciadas? ¿veas, entradas de balas, algo polo estilo?

—Non que eu saiba.

—Novata —asubiou Gelfand para si mesmo con certa apreciación.

E así é como se lle chama aquí aos que se suicidan con pastillas ou veleno, coma min, eses que chegan aquí sen ningunha cicatriz, novatos.

—Moza, novata, sexy...

—Non dixen que fose sexy —protestei.

—Ven —dixo mirándome por enriba do ombro mentres se puña ese abrigo de aviador seu que é tan feo.

—¿A onde? —preguntei, tratando de gañar tempo.

—Ao Super-deal —concluíu de forma determinante —reclamar o premio que nos corresponde.

—¿Nós? —apuntei en ton de sorpresa.

—Cala e móvete —ordenoume Gelfand, totalmente atrincheirado no seu estilo asertivo. Polo que calei e fun.

Namentres, cambiara a quenda no Super-deal. Tzadok e a caixeira xa non estaban alí, e os outros empregados non sabían nada de nada. Gelfand intentou discutir un pouco e cando comezou a facerse bastante vergonzoso fun buscar unhas cervexas. Ao carón do acuario das carpas topeime con Tziki, o meu compañeiro de piso de cando estaba vivo. Foi unha gran sorpresa atopalo aí. Tziki era unha das persoas máis repulsivas que coñecera, desa clase de compañeiros que poden facerche unha escena polos pelos que quedan na bañeira, ou por acabarlle co requeixo, pero era a última persoa no mundo da que pensaría que chegaría a suicidarse. Fixen como que non o vía e seguín para diante, pero colleume e paroume cun berro:

— ¡Haim! Dalgún xeito esperaba atoparte.

—¡Guau! —exclamei, finxindo un sorriso— Tziki, ¿que che trae por aquí, que fas?

—Coma todos —murmurou—, coma todos. Ata diría que ten algo que ver contigo.

—¿Que pasou? —preguntei— ¿Deixei a cociña sucia antes de morrer ou algo polo estilo?

—Buaf —riu Tziki timidamente— sempre fuches un entretemento.

Entón contoume con todo luxo de detalles cómo se tirara pola fiestra do apartamento, nunha terceira planta, a nosa compañeira de piso. Tirárase á rúa que hai debaixo, desexando que todo fose inmediato, pero non caeu ben: metade do corpo sobre un coche do veciño e a outra metade sobre o valado, e iso provocou que pasasen varias horas ata que morreu. Díxenlle que aínda non entendía qué relación tiña iso comigo, e contestoume que iso non está moi relacionado e continuou:

—De todos os xeitos, xa sabes —dixo encurvando a columna vertebral cara adiante e descansando o pescozo sobre o estante dos cereais— hai unha especie de refrán que di que os suicidios chegan sempre coa madurez. E hai algo de certo niso. A xente ao teu redor está morta, entón comezas a pensar en ti mesmo, sobre o que odias deles, sobre o que de verdade te mantén vivo. Para min caen coma os mísiles que os iraquís nos lanzaron na guerra do golfo; é ben simple, non teño resposta. Aínda menos no caso do teu suicidio, máis no de Erga...

—¿Erga? —interrompín.

—Si, Erga. Algo así como un mes despois do teu funeral. Non sei por qué pero cría que xa o sabías.

Daquela, un dos traballadores do Super-deal saíu de detrás do mostrador para darlle unha martelada a unha pobre carpa, e ata sentín as bágoas caer pola miña faciana. Dende que cheguei aquí non chorara nin unha soa vez.

—Non te poñas triste —dixo Tziki tocándome coa man suada— os médicos dixeron que non sentiu nada, xa sabes, foi inmediato.

—¿Quen está triste? ¡É unha pasada! —exclamei bicándoo na fronte— ¡Está aquí! ¿Non o entendes? ¡Só necesito atopala!

Puiden ver de lonxe ao encargado das quendas explicarlle algo a Gelfand, que asentiu coa cabeza dun xeito triste. Parecía como se xa se dese de conta de que non iamos levar o premio.

 

Capítulo oitavo

Aquí Ari consegue ensinarlle a Haim algo sobre a vida, e desespérase axiña

—Xamais a atoparás —sentenciou Gelfand mentres collía unha cervexa da neveira—, apóstoche o que queiras.

—Unha cervexa —sorrín á vez que seguía empaquetando as cousas na bolsa.

—Unha cervexa —repetiu Gelfand imitando a miña voz—. Imbécil, ¿Ti sabes cantos cadáveres hai aquí? Non tes nin idea, eu e máis ti levamos paseando por este lugar non sei canto tempo e non coñecemos nin a metade da xente. ¿Onde vas ir buscala, ao inferno? Pode ser que a Nofar esa vivise xusto no piso de enriba de ti.

—Erga —corrixino.

—Erga, Nofar, Senhav. Qué máis ten —dixo mentres abría unha cervexa coa punta da mesa— todo está máis ao norte.

Pasei del e comecei a empaquetar.

—¿Que é en realidade Erga? —sorriu Gelfand— Non é máis que orgasmo pero en hebreo, ¿non?

—Algo así —dixen, sen forzas para discutir.

—¿Que clase de pais dan un nome así á súa filla pequena? Escoita, Haim, cando a atopes tes que presentarme a súa nai.

—Prometido —sentenciei, levantando tres dedos da man dereita— palabra de scout.

—¿Por onde pensas comezar entón?

Encollín os ombros e engadín:

—Erga sempre dixo que odiaba a cidade, que quería vivir nun lugar máis pequeno. Can, xardín..., xa sabes.

—Con iso non me dis nada, protestou Gelfand —as rapazas sempre din iso, e ao final alugan un apartamento en Ramat Aviv cun compañeiro de piso reservista. Dígocho eu, pode ser que viva a cen metros de aquí.

—Non sei, estou case seguro de que non está na cidade —dixen, bebendo un grolo da súa cervexa—. Intuición. O mellor será que fagamos unha excursión.

—¿Fagamos? —preguntou Gelfand con receo.

—É unha forma de falar —tranquilizoume— non pensei nin por un momento que virías comigo un pouco máis ao Norte, para nada se me pasou pola cabeza. Amais, sei de sobra que es unha persoa con moitos compromisos.

—Veña —dixo enfadado— non me toques os collóns.

—Ao contrario —contestei— xa cho expliquei. Nin sequera pretendía que viñeses.

—Dáme unha boa razón e vou, non é que sexa un cabrón ou algo polo estilo.

—Estou namorado dela —intentei argumentar.

—Non estás namorado dela —rosmou Gelfand—. É igual que o teu estúpido suicidio. Enches a túa cabeza de palabras. ¿Para que? ¿Pensas que o teu suicidio foi máis intelixente?

—Non quero discutir contigo, Haim. Só intento dicirche algo, non sei, non teño nin idea do qué—, continuou, sentando ao meu carón —digámolo así, dende que chegaches aquí, con cantas rapazas follaches?

—¿Por que?

—Por nada.

—Follei unha pasada, creo que nin con unha.

—¿Seguro?

—Nin unha —respondín confuso— ¿pero que ten iso que ver?

—Ten que ver. Porque agora o teu corpo está máis que cheo de seme, ¿entendes? Abre os ollos e mira o gris. Xa chegou a eses niveis nos que che fai tal presión entre o cerebro e o cranio que podes dar en pensar que estás a experimentar uns sentimentos que ninguén no mundo experimentou antes. Unha experiencia tan grande que tanto ten morrer, deixalo todo, ir vivir a Galilea. ¿Viviches algunha vez en Galilea? Sabes que...

—Para, Ari, non teño forzas para iso —interrompino— déixame o coche, ¿vale? E sen tocarme os collóns co tema do seguro, se choco contra algo pago eu.

—Non me insultes —dixo Gelfand tocándome o ombro— xa che dixen que non é unha boa escusa. Nin sequera che dixen que non iría contigo. Ao mellor tes razón, ao mellor estouche a comer a cabeza, ao mellor a Nofar esa é realmente boa...

—Erga —corrixino de novo.

—Tes razón, —sorriu— perdoa

—¿Sabes que? Abandonouche a consciencia e o amor e o sen sentido —apuntei, cambiando de táctica—, creo que teño outra razón para convencerte de que veñas.

—¿A ver? —preguntou tentando aparentar estar interesado mentres guindaba a botella de cervexa baleira no lixo.

—¿Tes algo mellor que facer?

 

Capítulo noveno

Aquí saen os dous amigos na procura de Erga e en vez diso dan cuns árabes

Gelfand prometéralle aos seus pais que chamaría todos os días e dende o primeiro quilómetro comezou a buscar un teléfono.

—Home, tranquilízate —díxenlle—, estiveches en Sudamérica, estiveches na India, pegácheste un tiro, «bum-bum», na cabeza. Non ten sentido que te comportes coma un neno nun campamento de boy scouts.

—Haim, xa cho digo dende agora, non me amoles —concluíu Gelfand mentres conducía—. Mira este sitio, ¡vaia corpos hai por aquí! A verdade é que non sei para que demos vin contigo.

Fóra paseaba xente moi parecida á que vivía na nosa veciñanza, cos ollos un pouco apagados e as pernas arrastrándose. A única diferenza era que Gelfand non os coñecía, e iso chegaba para que comezase coas súas paranoias.

—Non son paranoias, ¿non o entendes? Todo o mundo aquí é árabe. Díxenche que tiñamos que ir máis ao Norte. Todas as nenas bonitas están no Norte, iso é ben sabido. No Leste non hai nada aparte de xente do Leste.

—E se son árabes —comentei— entón, ¿que?

—Non sei, os árabes... suicídanse, ¿non che parece raro? ¿nin sequera un pouco? ¿Daríanse de conta de que somos israelís?

—Daquela mataríannos outra vez. ¿Non entendes que non lles importa un carallo? Eles están mortos, nós estamos mortos. Iso é todo.

—Non sei —murmurou Gelfand— non me gustan os árabes. Nin sequera é por razóns políticas, é algo étnico.

—Dime, Ari, ¿non tes suficientes plans malos sen necesidade de ser racista?

—Non son racista —retorceuse—, é simplemente... xa sabes, quizais sexa un pouco racista. Pero un chisquiño de nada.

Comezou escurecer e xa había un bo cacho que Gelfand non tiña luces no seu vello e encanastrado mini, polo que tivemos que parar á noitiña. Pechou as portas por dentro e púxose testudo con que tiñamos que durmir no coche. Movemos os asentos cara atrás e intentamos facer como se quedaramos durmidos inmediatamente. De cando en vez Ari púñase dereito e estirábase para dar a volta, realmente patético, e despois dunha hora el mesmo cansou. Entón volveu o asento ao lugar e dixo:

—Veña, imos buscar un pub.

—¿E os árabes?

—Ao carallo cos árabes —contestou.

—Moito mellor dárchollo a eles, como na mili.

—Non fixeches a mili, —insistín— libraches despois de ir á oficina militar de saúde mental, para ser exactos.

—Non necesito facela —respondeu saíndo do mini e batendo a porta con forza—, vino na tele.

 

Capítulo décimo

Aquí Ari arrepíntese de non ter feito a mili e revela o difícil que é sacar aos mortos da súa tranquilidade

Ao final estaba claro que Ari tiña razón, e esa era un barrio árabe. Pero tamén eu tiña razón, porque certamente ninguén estaba moi interesado en saber o que había escrito nos nosos pasaportes antes de que morreramos. O pub no que entramos chamábase «Gin», que tamén é o nome da pantasma que Aladín sacou da lámpada marabillosa, e tamén a bebida que as mozas e os neniños que tiñan medo do whisky mesturaban con tónica. Ari dixo que o nome non era un xogo de palabras, pero o certo era que en comparación coa «Cafeta Natos» calquera cousa soaba ben.

Sentamos na barra. O camareiro parecía un deses que morrera dun xeito verdadeiramente malo, en moitos anacos. Ari intentou falar con el en inglés, pero percibiu enseguida o seu socate e respondeulle en hebreo, totalmente indiferente.

—Non hai cervexa de botella, só de barril —murmurou.

A súa cara parecía un quebracabezas do que alguén se cansara e deixara a medio facer, con medio bigote na parte esquerda do nariz e nada na parte dereita.

—Entón dáme unha de barril, colega —dixo Ari dándolle unha palmadiña no ombro—. Baixemos unha e que vivan os mártires suicidas, veña, Ahmed

—Sadam —corrixiu o camareiro educadamente mentres enchía todos os vasos.

—¿Que é un mártir suicida? ¿Fixeches a mili? —preguntoulle á vez que servía as consumicións.

—Si —mentiu Ari—, nos grupos especiais que entran aos territorios disfrazados de árabes. Ata agosto... ¡guau!, nin sequera me lembro de cánto me fixeron correr.

—¡Guau! —engadiu Sadam servindo as cervexas a Ari.

E, cando me pasou a miña murmurou:

—Está un pouco pirado este amigo teu, ¿non?

—¿Un pouco? —sorrín.

—Deixa —continuou Sadam—, como dicides vós, é o seu encanto.

—¡Guau! —exclamou Ari bebendo medio vaso dun grolo— este é o meu encanto.

—Cando estaba vivo non fixo a mili e iso remórdelle a conciencia —expliqueille.

Claro que a fixen, —insistiu Ari —incluso me presentaba con regularidade ao servizo, —afirmou sinalando a sen furada e imitando un disparo —dispareime coa pistola do exército. Veña, Sadam, dime, ¿como é que pechaches o teu pequeno negocio?

Estaba totalmente claro que Ari intentaba discutir, porque se hai algo que aquí non se pregunta é cómo se morrera. Pero o Sadam este era tan deprimente que nin sequera Ari tiña posibilidades de pelexar con el.

—¡Caput! —sorriu sen moitas ganas, meneando un pouco o seu corpo escachizado— ¿Que, non vedes?

—¡Guau! —continuou Ari—. ¡Caput! ¿A cantos mataches?

Sadam moveu a cabeza e serviuse un vodka:

—¿Como o podo saber?

—¿Non llo preguntaches aquí a ninguén? —respondeulle Ari asombrado—. Seguro que chegaron outros despois ca ti.

—Iso non é algo que preguntemos —contestou Sadam baixando o vaso de vodka dun grolo.

—Dime cándo e onde —insistiu Ari—. Se morrese despois ca ti, quizais puidera dicirche cantos...

—Déixao —continuou Sadam poñéndose un pouco máis duro por un intre—, ¿para que?

—¿Entón que? —apurei, intentando cambiar de tema—. Isto énchese pola noite.

—Está a rebentar —sorriu Sadam—. Todas as noites, ¿pero que? A gran maioría son homes. Ao mellor, unha vez cada certo tempo, veñen dúas mozas. Ás veces turistas, pero case nunca.

—Dime —inquiriu Ari—, ¿é certo iso que din de vós de que antes de que saias a unha operación asegúranche setenta virxes moi sexys e ninfómanas na outra vida? ¿Só para ti nada máis?

—Prométeno —contestou Sadam—, e xa verás o que hai. Afundinme no alcohol.

—Así que ao final non es máis que un ignorantiño, veña, Sadam —comentou Ari ríndose del.

—Éche así —asentiu Naser—, e ti, ¿que che prometeron a ti?

 

Capítulo once

Aquí Haim soña que el e Erga mercan un sofá, e esperta na cruel realidade

Pola noite, no coche, soñei como eu e Erga iamos mercar un sofá e o vendedor era un dos árabes do pub que tanto lle molestou a Ari. Amosounos toda clase de modelos, polo que foi moi difícil decidírmonos. Erga púxose pesada con un horroroso, recuberto de tea vermella, pero eu quería un distinto, non me lembro exactamente cal. Daquela comezamos a discutir sobre iso no medio da tenda, non foi pouca cousa, estivemos a berros. E a disputa púxose máis e máis groseira, ata que comezamos a insultarnos e a ferirnos un ao outro, e entón, de súpeto, no soño, enchinme, parei e díxenlle:

—Paseime, ¿que máis ten en realidade? Todos son sofás. O importante é que esteamos xuntos.

E cando lle dixen iso, sorriu. E entón, en vez de devolverlle o sorriso, espertei no coche. No asento do lado estaba Ari, enroscado e durmido, maldicindo a toda esa xente que o estaba a molestar no soño.

—Ti cala —ordenoulle a un que mesmo parecía algo ido—, unha palabra máis e fágoche un pastel na cara.

Parecía que o outro seguía, porque Ari intentou erguerse e colleu o gorro polas puntas. Despois que espertou abrimos as xanelas e prendemos un cigarro.

—Mañá mercamos un saco de durmir ou unha tenda iglú ou como queira que lle chamen á merda esa de plástico que venden nesas tendas de deportes de aventura —determinou Ari.

—Unha tenda de campaña —apuntei.

—Si, unha tenda de campaña. É a última vez que durmimos no coche.

Entón Ari colleu a cabicha do cigarro e botouna pola xanela, dicindo:

—O certo é que era boa xente o árabe ese do pub. A cervexa era unha merda pero o Sadam ese era verdadeiramente listo. ¿Sabes que foi o que soñei?

—Si —contestei, collendo o pouco que aínda lle quedaba ao cigarro—, que lle estabas a comer a cabeza coas túas ideas.

 

Capítulo doce

Aquí os dous amigos paran a unha autoestopista ben sexy e conseguen encadear unha conversa

Pola mañá eu e Ari collemos a unha rapaza que facía dedo, algo que é bastante estraño. Por iso quedamos un intre dándolle voltas, xa que aquí ninguén viaxa facendo dedo. Ari xa a vira de lonxe.

—Mira esa —sinalou—, qué corpo, devezo por algo así.

—¿Unha novata? —pregunteille con ollos ben abertos.

—Non che é calquera cousa —respondeu Ari—, unha novata cachonda. Xúrocho, cunha así, se non estiveramos aquí, na vida pensaría en morrer.

Normalmente, cando Ari se pon quente, esaxera todo, pero a verdade é que tiña razón. A rapaza tiña algo así como vivo nos ollos que non che deixaba mirala máis de dúas veces. Unha vez que a pasamos, seguín mirándoa no espello retrovisor: cabelo negro e longo, levaba unha desas mochilas coma a dos turistas, e de súpeto vin que facía acenos coa man. Tamén Ari o viu e freou. O coche que estaba detrás case choca contra nós, pero no último segundo foi quen de pasarnos. Ari deulle cara atrás e quedamos ao carón dela.

—Sube, colega —dixo en voz alta intentando que se lle escoitase no silencio, aínda que sen moita sorte.

—¿A onde ides? —preguntou con voz sospeitosa.

—Cara ao Leste —respondín.

—Cara ao Leste, ¿a onde? —engadiu á vez que metía o abrigo e entraba no coche. Entón encolleu os ombros e continuou— ¿Tendes idea de a onde ides?

—Non levas moito tempo aquí, ¿eh?— riu Ari.

—¿Por que?— preguntou ofendida.

—Doutro xeito xa saberías que ninguén ten moita idea aquí. Vaites saber, se por nós fose ao mellor nin morriamos aquí.

Chamábase Lihi, e contounos que era certo que non había moito que chegara e que dende entón estaba dando voltas facendo dedo, porque buscaba aos encargados do lugar.

—¿Os encargados deste lugar?— riu Ari— ¿Que pensas, que isto é un club de campo e o que buscas son as oficinas do xerente? Este sitio é exactamente igual que antes de que morreses, só un chisco peor. Dime, ¿cando aínda estabas viva, intentaches algunha vez atopar a Deus?

—Non —respondeu Lihi á vez que me ofrecía unha goma de mascar— pero entón tampouco tiña moitos motivos para facelo.

—¿E cal é o motivo preciso que tes agora? —riu Ari mentres collía unha goma de mascar— ¿arrepínteste? Porque xa sabes que se esta é a túa historia e empaquetaches todo na mochila e non estás máis que na procura de alguén que che arranxe o visado de volta...

—Dime —corteino antes de que comezase a insultala de verdade—, ¿por que acenaches coa man, como facendo dedo, xusto despois de que pasaramos?

—Non sei —respondeu encollendo os ombros—, dalgún xeito non estaba segura de que quixera subir convosco. De lonxe parecéstesme un pouco..

—¿Tímidos? —engadiu Ari.

—Non —sorriu Lihi confundida—, uns plastas.

 

Capítulo trece

Aquí Haim segue sen perder a esperanza, Ari quéixase e Lihi... dálle a volta ás mangas

Xa pasaron cinco días dende que paramos a Lihi. Ari seguiu xuntando moreas de moedas e todo o tempo estivo na procura dun teléfono. Non había día no que non falase cos pais, polo menos unha hora. E cando eu e Lihi intentabamos rirnos con el diso, sentíase insultado inmediatamente. O que é certo é que aínda non remataramos coa historia esa do seguro do coche e xa intercambiaramos entre os tres a condución do coche. O ritmo non era malo, a pesar de que por culpa das luces do mini non podiamos conducir pola noite. Así e todo, a cidade comezaba a consumirse ao noso redor e había menos xente e máis ceo, máis casas pequenas con xardíns, a pesar de que sempre, dalgún xeito, alí todo era decadente. A tenda de campaña que mercaramos era bastante boa e comezamos a acostumarnos a ela. Todas as noites soño esa mesma parvada da pelexa con Erga, e todas as noites, ao final, reconciliámonos, e despois diso, cando esperto, Ari di que nunca a vira na vida, pero que non lle importaría seguir o camiño ata me fartar. Sempre porfía en falar sobre Erga cando Lihi está ao noso carón. Lihi pensa que si que teño posibilidades, pero Ari non está moi de acordo. Onte cando baixamos do coche eu e máis el para mexar, comezou a queixarse de que dende que ela se unira a nós todo comezara a facerse algo máis duro.

—Vouna foder —dixo á vez que sacudía o pene—, pero non o faremos entre os dous... Polo menos, cando estabamos solos podiamos falar de porcalladas.

—Tamén podes dicir porcalladas agora —dixen—, es libre, ¿quen cho impide?

Xa acabaramos de mexar, pero seguimos de pé na mesma posición para poder seguir a falar.

—Nun principio douche a razón —admitiu Ari—, pero no fondo ambos sabemos que, polo menos, temos á man unha nena que está ben boa, e iso non é o mesmo precisamente. Cando hai alguén máis sempre parece, dalgún xeito, menos espontáneo e máis provocativo.

Despois diso volvemos ao coche e eu substituín a Ari ao volante. Todo ese tempo Lihi estivera durmindo na parte de atrás do coche, vestida coa súa roupa deportiva. Dende que a pararamos nunca a vira en mangas curtas. Ari dixo que estaba disposto a apostar o mini a que se abrira as veas, pero ningún dos dous tiña a coraxe suficiente como para preguntarlle cómo se matara e por qué. E a verdade era que tampouco é que fose algo realmente importante. Estaba bonita cando durmía, tranquiliña, e á parte da historia esa de atopar aos encargados, algo realmente raro, era do máis normal. A pesar de todas as súas queixas creo que Ari se namorou dela, quizais tamén por iso era polo que se queixaba, nunca o entenderei. A verdade é que ás veces tamén eu teño pensamentos así, que quizais non atope a Erga, e que Lihi, ao mellor, tamén se namora un chisco de min, pero pronto me esquezo de todo iso. Amais, podo sentir a Erga bastante achegada. Ari di que non son máis que parvadas miñas, que ela está xustamente na outra beira e que non pasará nada porque ela xa ten a alguén, seguramente un negro que se suicidou colgándose polo pene. Pero podo ulir perfectamente cómo se achega a min, cómo a descubrirei, e cómo o meu mellor amigo aquí se desespera e molesta; con todo, iso non quere dicir que eu a queira.

 

Capítulo catorce

Que comeza cun milagre e case remata cun desastre

Pola noite, cando xa buscabamos un lugar onde acampar, pasounos algo estraño. Conducía Lihi precisamente e un camión que quería adiantar tocou a bucina, cun son alarmante, polo que Lihi se botou a un lado para deixalo pasar. Cando deu a luz sinalando que quería volver á estrada, as luces do mini acendéronse de súbito. Ari, que estaba sentado diante, entrou en éxtase.

—Es unha meiga, es un xenio —dixo bicando a Lihi e provocando que case perdese o control do coche co seu entusiasmo—, es o Florence Nightingale do automóbil, ¿que Nightingale? Es Marie Curie, es Mania Suhat.

—Ari, espera —riu Lihi—, non son máis que as luces.

—¡Non máis que as luces! —exclamou observándoa con cara de lástima— ¡que inocente es! Qué grande es... así de inocentona. ¿Sabes a cantos mecánicos fomos para reparar o motor deste vello mini? Esquécete dos mecánicos, dos enxeñeiros nucleares, que son os doutores holísticos da mecánica pesada, xente que esmiúza e compón o motor do Mac-diesel en vinte segundos cos ollos pechados, e nin eles conseguiron arranxar isto, ninguén puido ata que ti chegaches —dixo, dándolle unha masaxe no pescozo—, meu anxo da garda.

Ao meu parecer, o entusiasmo espontáneo de Ari parecía algo finxido e continuaba farfullando só para ter un bo pretexto para así poder acariñar un pouco máis a Lihi.

—Xa sabes o que quere dicir —comentei—, que agora tamén podemos conducir pola noite.

—¡Guau! —dixo Ari—, e o primeiro lugar onde vaiamos pola noite, con estas fermosas luces, foderanos a cabeza ata que nos doa de tanto alcohol.

Seguimos o camiño, buscando un pub. Fóra da cidade todo estaba totalmente baleiro e cada media hora pasabamos ao carón dun sinal cunha frecha que marcaba unha hamburguesería ou unha pizzería. Tras catro horas Ari cansou e parou para celebralo nun sitio onde vendían xeados e iogures conxelados. Preguntou cal era a cousa máis parecida que tiñan a alcohol, e a vendedora contestou que era un xeado con sabor a licor de cereixa.

—Dime, Sandra —dixo Ari á vez que ollaba o nome da dependenta na chapa que levaba—, ¿cantas bólas de xeado cres que necesito para que me suba á cabeza?

Debaixo do nome, sobre a placa, tiña debuxado o símbolo da compañía, unha foca cun sombreiro de pallaso montada nun monociclo, e baixo el o slogan: «menos prezo – máis sabor».

—Non sei —respondeu Sandra encollendo os ombros.

—Pois danos catro quilos —determinou Ari—, seguro que chega.

Sandra encheu os vasos con bastante rapidez. Parecía un pouco cansa, aínda que mantivo os ollos abertos todo o tempo, como se estivese sorprendida. Sería asombroso saber cómo morrera. De volta ao coche Lihi parou xunto a un carteliño que dicía o que tiñan que facer os traballadores alí: tratar con respecto aos clientes, lavar as mans ao saír do baño e cousas dese estilo. Cando traballaba na pizzería «Kamikaze» tamén tiñamos unha así colgado ao lado do baño e sempre que cagaba alí non me lavaba as mans, non por nada en especial, só para sentirme libre.

—Hai algo noxento neses lugares —dixo Lihi cando xa comeramos o xeado dentro do coche—, sempre que entro, desexo que pase algo inesperado. Aínda que sexa algo pequeno. Que o dependente leve a chapa co seu nome do revés, que lle manden colocar o gorro ou que simplemente diga: «advírtocho, a comida de aquí é noxenta». Pero case nunca pasa algo así. ¿Sabedes por qué o digo?

—¿Iso é xusto? —preguntou Ari sacándolle o vaso do xeado— Non moito. ¿Cambiamos un pouco?

Estaba máis que claro que devecía por conducir coas luces novas. Non máis que un quilómetro despois de cambiar demos cunha curva á dereita e xusto despois atopamos un home alto e delgado, con lentes, durmido tombado no camiño. O home nin sequera deixou de roncar cando Ari saíu do camiño e chocou contra unha árbore. Saímos do coche, ningún de nós estaba verdadeiramente mancado pero o mini quedou totalmente escanastrado.

—¡Oes! —correu Ari cara ao home que estaba tombado na vía e moveuno—, ¡estás tolo!

—Envorcastes —contestou á vez que saltou para pórse en pé rapidisimamente e tenderlle unha man a Ari—. Son Rafael. Rafael Kneller. Pero podedes chamarme Rafi.

E cando veu que Ari non lle apertaba a man estendida, pechou os ollos e preguntou:

—¿Que cheiro é ese? Como a xeado.

E xusto despois, sen esperar pola resposta, proseguiu:

—Decídeme, ¿non veriades un can por aquí?

 

Capítulo quince

Aquí Kneller amosa moita hospitalidade e algunha paranoia, e explica por qué a súa casa non é verdadeiramente un lugar de veraneo

Unha vez que Ari se calmou un pouco, revisamos o coche e comprobamos que non había nada que facer. Kneller sentiuse fatal cando entendeu o que pasara e que todo fora pola súa culpa, e sen ter ningún tipo de relación suxeriunos que foramos durmir con el a casa. Polo camiño non deixou de falar, á vez que o seu corpo caía por todos lados con cada paso que daba, como se intentase ir a moitos sitios distintos dunha soa vez e lle fose difícil decidirse por un. En liñas xerais, o Kneller ese parecía totalmente tolo, pero non moi perigoso. Incluso cheiraba a inocencia, coma o cuíño dun bebé. Resultoume difícil imaxinar cómo se matara alguén así.

—Case que nunca paseo por aquí a estas horas, pero saín precisamente na busca do meu can, Fredi, que se perdeu, ¿non o veriades por aí? E claro, de súpeto toda esa pastorela ao redor e quen de conquistarme. Ben, iso é totalmente natural, ¿a quen non lle gusta botar unha sesta entre as árbores? xa sabedes, no colo da natureza —argumentou Kneller intentando explicar as súas ocorrencias á vez que movía as mans efusivamente—. ¿Pero así? ¿no medio da estrada? Veña ho, en serio, non ten ningún sentido da responsabilidade. Demasiadas drogas brandas —engadiu, chiscándonos un ollo.

Con todo, cando viu que Ari permanecía serio, mesmo ameazador, apurou a engadir:

—Drogas como metáfora, ou sexa, ninguén fuma verdadeiramente aquí.

A casa de Kneller era exactamente igual aos manicomios eses que adoitabamos pintar no párvulo, cun tellado de azulexos, cheminea, unha árbore medrando no xardín, e unha luz amarela nas fiestras. Na entrada da casa había un sinal enorme que puña, en letras negras maiúsculas: «alúgase», que alguén esborranchara por enriba cunha cor azul, poñendo: «a casa de veraneo de Kneller». Kneller explicounos que non quería dicir verdadeiramente que se alugaba a casa, senón que unha vez o fixeran, pero entón chegou el e alugouna, e tampouco quería dicir realmente que tivera unha casa de veraneo, non era máis ca unha broma non moi graciosa dun amigo seu que xa levaba un bo tempo vivindo con el, e que decidira poñelo polos invitados que viñan e as actividades que Kneller sempre organizaba para eles, porque o lugar era como un pequeno lugar de veraneo.

—Esperade a que vos baixe o xeado —sorriu mentres sinalaba a caixa térmica cos vasos que Lihi sostiña na man—, volveranse tolos de todo.

 

Capítulo dezaseis

Aquí Lihi fai un pequeno milagre e Ari namórase dunha esquimó

Xa levamos preto dun mes aquí e Kneller comezou a resignarse sobre o feito de que o seu can Fredi non volvese. E tampouco parece que a grúa que Gelfand pediu chegase algún día. A primeira semana Ari fíxolle a vida imposible a todo o mundo e intentou chamar a todos os números de teléfono buscando a forma de volver a casa, pero despois atopou unha esquimó aquí, tan fermosa que quitaba o impo, e que non estaba tan metida no lugar como para entender a personalidade de Ari. E dende que comezaron a estar xuntos el deixou de agoniar coa idea de volver a casa. E aínda que seguiu a falar por teléfono cos seus pais unha vez ao día, agora fala dela case todo o tempo. Ao principio, o lugar tamén me chocou a min, por esa xente positiva de todo o mundo, que vivía alí e que despois de morrer construíran a outra cara da boa vida. Algo así como un espazo intermedio entre os united colours of Benetton e unhas illas desertas. Só que a xente aquí é verdadeiramente agradable, algo rariños, pero intentan entregar o máximo do pouco que teñen. E entre eles, coma un director de orquestra, está Kneller cos seus amigos cambiantes. Conteille a Lihi que, cando estudaba no instituto, había no libro de física unha desas preguntas sobre o home milagreiro (así se chamaba no libro) que cae do tellado dun edificio e tiñas que calcular o tempo da súa caída cun reloxo parado. Non estaba escrito cómo era pero, dalgún xeito, imaxineino igual que Kneller, coa dureza na mirada, pero que non tiña nada que ver con este lugar. Lihi preguntoume qué puña ao final da pregunta de física e respondinlle que non o lembraba moi ben, pero seguro que o home milagreiro sobreviviu, xa que é un libro de física para rapaces. E Lihi contestoume que se era así, seguro que era Kneller, porque ela podía facilmente velo pisando o tellado do edificio, pero sería realmente difícil imaxinalo ferirse ao tocar no chan. Pola mañá marchamos traballar con el, no seu xardín, que ata hoxe en día non conseguiu dar nada máis que herba. No medio do traballo Lihi abriu a billa para beber e no canto de auga saíu soda. Eu e Lihi sorprendémonos bastante por iso, pero Kneller non pareceu impresionarse.

—Non lle fagades caso —dixo, quitándolle importancia—, iso pasa aquí todo o tempo.

—¿Que? —preguntei totalmente pampo.

—Cousas desas —continuou Kneller enxertando as flores.

—¿Milagres? —preguntei— porque xa sabes, Rafi, que non é que Lihi convertese a auga en viño, pero non é que sexa moi distinto.

—É distinto dabondo —concluíu Kneller—. Queres chamalo milagre, pois chámao así, pero non é un milagre significativo, aquí hai tantos como lixo. É estraño porque vos destes de conta, a maioría da xente nin sequera lles presta atención.

Lihi e eu non entendemos ben. Con todo, Kneller explicounos que esta era unha das características máis destacadas da rexión: que a xente pode facer cousas realmente impresionantes, como converter pedras en plantas, mudar a cor dos animais e incluso voar un pouco polo aire, pero ninguén o fai coma un principio nin intenta cambiar ningunha cousa. Díxenlle que xa era impresionante dabondo e que se iso pasa tantas veces entón poderíase intentar organizar unha especie de espectáculo, como fan os meigos, e incluso pasalo pola televisión.

—Pero iso precisamente é o que che trato de explicar —engadiu Kneller anciñando a terra con enerxía—, que é imposible, porque dende o momento no que veña xente co obxecto de ver isto, deixará de funcionar. Estas cousas suceden só se a ninguén lle importan. É como se, por exemplo, te atopas de súpeto camiñando sobre as augas, que é algo que sucede aquí de cando en vez, pero só cando é seguro que non te espera nada no outro lado, ou que non hai ningún histérico ao redor que poida facer negocio co asunto.

Lihi faloulle das luces do mini no día que nos atopamos, e Kneller dixo que iso era algo bastante típico.

—Reparar os focos do coche paréceme significativo abondo —observei.

—Depende de a onde te dirixas —riu Kneller—, se cinco minutos despois chocas contra unha árbore, entón non o é.

 

Capítulo dezasete

Aquí Lihi conta a Haim algo íntimo, e Ari porfía con que non é máis que unha parvada

Dende entón a conversa con Kneller comezou a centrarse máis en todos eses milagres. Onte eu e Lihi chamamos dende fóra da casa. Lihi parou un intre para atar os amallós dos zapatos, e vimos cómo, de súpeto, a rocha onde descansaba a súa perna só un segundo antes, caía pero ao revés, cara ao ceo. E desapareceu así, sen máis, sen ningunha razón. E un día antes diso, cando Ari veu colocar as bólas da mesa de billar, vin como de pronto unha delas se convertía nun ovo. A verdade é que devezo por facer o meu primeiro milagre, non me importa moito o que sexa, aínda que sexa a cousa máis parva. Kneller di que o feito de que desexe tanto iso fai que quede relegado a unha segunda posición, e por iso non o conseguirei nunca. Quizais teña razón, pero hai algo nesa explicación que non me soa nada razoable e si algo confuso. Kneller di que non é ese o motivo, senón o lugar, que non é moi normal e se confunde connosco. Nun intre o home morre e ¡boom!, caput. Un intre despois xa está aquí con cicatrices e cunha hipoteca. E normalmente, ¿por que só se suicidan? ¿por que non morren simplemente? Algo tras iso deixa ver que non hai moito pesar. É así e punto. Amais, quizais isto non sexa o máis importante do mundo, pero tamén podería ser moito peor.

Ari está todo o tempo coa súa nova noiva. Hai aquí un río non moi afastado e ela ensínalle cómo remar en kaiak e pescar, que xa é bastante raro, porque eu polo menos case nunca escoitei nin vin animais aquí, á parte de, en todo caso, o can de Kneller, que tampouco estou moi seguro de que realmente exista. Ari non ten moito que darlle a cambio; con todo, cando menos, para non sentir que a está a usar, apréndelle nomes de ex-futbolistas e xura en hebreo. Eu, pola miña parte, paso a maior parte do tempo con Lihi. Kneller ten varios pares de bicicletas no almacén, e grazas a elas viaxamos moito. Unha vez contoume cómo morrera, aclaroume que non se suicidara, senón que morrera de sobredose. Alguén lle ofrecera inxectarse non sei qué cousa. Era a primeira vez que o facían, e seica non o prepararon ben. Tamén por iso cría que chegara ao lugar por equivocación, e que só con atopar alguén con quen poder falar, sacaríana de aí inmediatamente. O certo é que non creo que teña moitas posibilidades de dar con alguén así, pero penso que o mellor será que non llo diga. Lihi pediume que non lle contase iso a ninguén, pero reveleillo a Ari, que dixo que iso non eran máis que parvadas, que ninguén chegaba aquí por equivocación. Conteille o que Kneller di, sobre iso de que todo este lugar é un gran erro, e que o lugar este era raro abondo como para que unha bóla de billar se convertese en ovo, así que podía ser que Lihi chegase aquí por equivocación.

—¿Sabes a que me recorda?— murmurou Ari á vez que enchía a boca cunha torrada— A esas películas nas que o heroe entra no cárcere e achéganse a el toda clase de xentes contándolle por qué están alí por equivocación, que en realidade estaban a protexerse dun crime; pero podes ver na súa cara que son os máis culpables de todos. Sabes que morro por Lihi pero qué parvada é esa da sobredose. ¿Viches algunha vez a alguén inxectarse en Tel Aviv? A xente en Israel ten medo da antitetánica, nada máis ven unha agulla e xa caen.

—Non é que sexa unha narcotraficante ou algo polo estilo —dixen—, era a súa primeira vez.

—A súa primeira vez— dixo Ari dando un grolo ao café—. Enténdeme, Haim, ninguén morre por unha primeira vez, e non importa de qué, a non ser que o desexe moito, moito.

 

Capítulo dezaoito

Aquí Haim soña que está nunha película de policías cun final non feliz xa que non ten papel no reparto

Esa mesma noite soñei que eu, Ari e Lihi fuxiamos dun cárcere. Primeiro escapabamos da nosa cela, o que era bastante doado, pero despois, cando chegabamos ao patio, aparecían toda clase de alarmas e proxectores. Da outra cara da reixa esperábanos unha Transit e eu fixen de escada cos ombros para que Ari e Lihi saltasen o valado. Despois quixen pasar, pero non había quen me axudase, e así, de súpeto, vin a Kneller ao meu carón. E antes de pedirlle unha man, xa me levantara no aire e me lanzara á outra beira. Entón xa estaban todos fóra, con Erga conducindo a furgoneta e esperando por min. Escoitei ás miñas costas as sereas e os cans, e todas esas cousas que se escoitan nas películas policiais, e cada vez máis preto de min. Mentres, Ari, dende a outra parte do valado, me berraba:

—Veña, Haim, qué tes, ¡voa un pouco!

E como para poñerme máis nervioso, Kneller flotaba por riba da Transit, e movíase coma se tivese o baile de san Vito. Eu tamén o intentei, pero non fun capaz. Daquela todos marcharon, pero a familia de Ari chegou de socato, e a verdade é que xa non me lembro do resto.

—¿Sabes que quere dicir ese soño?— díxome Ari—, que estás pirado. Es moi fácil de influenciar e estás pirado. Fácil de influenciar porque chega con que che diga unha vez «cárcere» e inmediatamente soñas con iso. E pirado porque iso é o que di o soño.

Eu e Ari estabamos sentados á beira do río cun cordel dos de tender a roupa na man, mentres intentabamos pescar seguindo as instrucións que lle ensinara a súa noiva. Xa levabamos dúas horas así e nin pescaramos un zapato, o que puxo a Ari moi alterado.

—Pensa niso, no soño todos conseguen liberarse, pois toman a vida dun xeito sinxelo. Só ti, que estás todo o día coa cabeza mallada, quedas aí inmóbil. É un soño moi simple, case podería dicir que é educativo.

Comezaba a facer un pouco de fresco e pregunteime a min mesmo cándo cansaría Ari da estupidez esa de crerse pescador porque, a verdade, eu xa levaba un bo cacho máis que farto, e era bastante evidente que non había peixes aí.

—Direiche algo máis—, proseguiu Ari— non só o soño da conta diso. É o feito de que o lembres e que despois mo contes. Hai moita xente que soña, pero non todos montan unha historia tan grande con iso. Eu tamén soño pero nunca teño a coraxe para contarcho e, amais, tamén son unha persoa máis feliz.

E para demostralo sacou o seu cordel da auga cun peixe na punta. Era un peixe verdadeiramente pequeno e feo, pero chegaba dabondo para elevar o seu ego e mesmo facelo estoupar.

—Escoita por unha vez ao teu amigo, esquécete un intre deses soños e milagres infantís teus, e vai por Lihi. Vive o momento, ¿que hai de malo? Ela está ben, está cos pés un pouco na terra, pero é moi optimista, e estou certo de que che vai. Entre nós, ela nunca atopará a Deus para queixarse, e ti xamais atoparás o teu cadáver agochado, ambos os dous estades atrapados aquí, así que, polo menos aproveitádevos un pouco un do outro.

Mentres falabamos o peixe feo revolveuse de cara a Ari como se fose un peixe distinto, vermello e un pouco máis grande, aínda que non menos feo. Ari tirouno ao chan e golpeouno na cabeza cunha pedra ata que deixou de moverse, que é outro dos trucos dos esquimós. El nin sequera se dera de conta de que o peixe cambiara, ¿e iso é xusto? Ao mellor tiña razón e ao mellor non era realmente importante. Pero en canto a Erga, algo me dicía que estaba aí, que chegaba con que voltease a cabeza para atopala, dalgún xeito, detrás de min. E todo ese cinismo de Ari non me moveu nin un milímetro porque estaba seguro de que a atoparía.

—Dime unha cousa nada máis —díxome Ari camiño da casa—, o Kneller ese, ¿de que vai? Refírome a que está todo o tempo contento e abraza aos homes, ¿é marica ou que?

 

Capítulo dezanove

Aquí Kneller celebra o aniversario, e Haim e Lihi deciden emprender a marcha

Chegou moita xente aquí nos últimos días, xa que de contado sería o aniversario de Kneller e todo o mundo estaba verdadeiramente entusiasmado facendo doces, ou pensando en agasallos orixinais para regalarlle. Para a gran maioría nin sequera había suficiente coordinación para facer dúas cousas ao mesmo tempo e Lihi dixo que sería unha sorte enorme se todo ese delirio creativo non terminaba nun desastre. Polo momento xa había dous que se cortaran, e un perdera todos os dedos mentres intentaba coserlle unha bolsa a Kneller. Amais deles estaba Ian, un astronauta holandés que saíra o día anterior pola mañá cunha rede para cazar bolboretas e dixera que marchaba ao bosque na procura dun can novo para Kneller, e dende entón non soubemos nada del. O propio Kneller parecía bastante entusiasmado. Pola noite, mentres preparabamos a mesa para a cea solemne, pregunteille cántos anos tiña, e comezou a tatexar e revelou finalmente que non o lembraba con exactitude. Despois da comida e os agasallos puxéronse discos e a xente bailou de verdade, como nas festas do colexio. Incluso eu bailei unha peza con Lihi. A iso das catro da mañá alguén recordou que Kneller aprendera a tocar o violín, e que vira o seu violín tirado no almacén. Ao principio Kneller non quixo tocar, pero axiña cedeu e tocou «Knoking on Heaven’s Door». A verdade é que non entendo moito de música, pero na vida escoitara a alguén tocar así. Non é que fose orixinal, xa que intentaba imitar, pero era enorme o sentimento que puña nas notas que tocaba de forma espontánea. E non só eu, senón todos quedaron de pé en silencio, como cando soa a serea o día en memoria dos soldados caídos. Ata Ari, que sempre lle gustaba molestar, neses momentos non se moveu e quedou cos ollos totalmente mollados. Despois diso díxome que era por culpa da alerxia, pero estaba clarísimo que estaba a mentir. Cando Kneller rematou de tocar a ninguén lle quedaban forzas para facer nada. Case todos foron durmir, e eu e Lihi quedamos para axudar a limpar un pouco. Na cociña preguntoume se botaba de menos todas esas cousas de antes de morrer. Díxenlle a verdade, que non é que devecese por volver, pero que non me lembraba de moito, á parte de Erga, e que agora que ela estaba aí xa non estrañaba nada.

—Ao mellor —díxenlle—, un pouco de min mesmo. Cómo era antes de morrer. Estou seguro de que era un innovador, pero dalgún xeito lémbrome de min mesmo máis... non sei, algo... Nin sequera me lembro diso.

Lihi dixo que ela botaba de menos todo, ata as cousas que odiaba, e que cría que ao día seguinte tería que marchar de alí, porque se quería atopar a alguén para axudala, tería que seguir buscando. Díxenlle que tiña razón e que podía ser que tamén eu continuase se realmente quería atopar a Erga. Rematamos de poñer a louza no vertedoiro pero ningún dos dous tiña moitas ganas de ir durmir. Kneller estaba tirado no chan do salón xogando cos seus regalos igual que un neno, cando Ian entrou totalmente alterado, sostendo a estúpida rede para as bolboretas e dicindo que no outro lado do bosque vivía o rei Mesías, e que tiña o can de Kneller como refén.

 

Capítulo vinte

Aquí Fredi come swarma debido a un cambio de identidade

Ian mirounos sufocado. Estaba vermello. Movémolo ata o salón, levámoslle un vaso de auga, e contounos cómo se perdera no bosque buscando o novo can de Kneller, e cómo ao final, cando saíu polo outro lado, viu un chalé grande con piscina, e quixo visitar aos donos para que lle deixasen chamar por teléfono á casa e pedir que alguén o fose buscar. Pero no chalé non tiñan teléfono, só moita música e ruído, e todos estaban bronceados e tomando o sol, mesmo parecían australianos, a non ser as rapazas que paseaban sen a parte de arriba do bikini. Estaban boísimas e déronlle a Ian unha chea de comida, e dixéronlle que a casa esa era do rei Mesías, e que todos os de alí pertencían ao seu grupo, e que ao rei Mesías só lle gustaba a música trance, por iso a escoitaban todo o tempo ao máximo volume. Contáronlle tamén que ao rei Mesías o chamaban o supremo, pero que todo o mundo se refería a el como Giv, que é un nome que unha moza inventara para el e que lle gustara moito. Giv estivera, nun principio, nun observatorio nos altos do Golán, pero xa levaba moito tempo aí, e había unhas semanas proclamara que ía facer un milagre realmente importante, non unha parvada desas que saen de casualidade. Estáballes prohibido descubrir qué era, pero sería algo verdadeiramente grande e Ian estaba disposto a quedar para velo. Ian, que pouco a pouco comezou a acostumarse á música, entusiasmouse moito co asunto do milagre, pero principalmente coas rapazas espidas. Así que arranxáronlle un cuarto no chalé xunto a un surfista bastante agradable, que antes de morrer fora o encargado da sucursal do «Hard-Rock Café» en Edmontown, Nova Zelandia.

Pola noite todos foron nadar espidos na piscina, aínda que a Ian dáballe algo de vergoña e quedou fóra. Entón, de súpeto viu a Fredi, o can de Kneller, comendo swarma nun prato de plástico a carón da piscina. Ian explicoulles que Fredi era o can dun bo amigo seu e que se perdera había unhas semanas. Todos parecían algo confusos xa que o rei Mesías adoptara ese can e dixéralles que era un xenio, e que incluso o ensinara a falar. E Ian sabía que o can de Kneller sabía dicir algunhas palabras, aínda que non as entendía moi ben; con todo, recoñecía que o can era parvo de todo. O que pasa é que non quería dicir iso, para non insultar ao rei Mesías, que acababa de chegar.

O rei Mesías, Giv, era un home louro e alto, de ollos azuis e pelo longo, e tiña unha noiva con poucas curvas, mais ben guapa. Ambos os dous escoitaron pacientemente a historia de Ian, ata que, ao final, Giv dixo que se ese era realmente o can perdido alegraríalle devolvelo, e que había unha forma moi simple de comprobalo. Preguntou a Ian cómo se chamaba o can, e Ian díxolle que Fredi. Daquela, Giv chamou a Fredi, que xusto acabara de comer, e preguntoulle cómo se chamaba, e o parvo do can moveu o rabo e dixo «Sadam», que era un chiste estúpido dun soldado da unidade de infantería que morrera no medio dun difícil curso da armada e despois vivira un tempo con Kneller e amestrara a Fredi cando aínda era un cadeliño. Ian tamén intentou explicarlle iso, pero parecía como que Giv xa estaba convencido de que era outro o can do que falaba, e mesmo Fredi facía todo o tempo carantoñas como negándose a ir con Ian, porque na vida comera swarma estando con Kneller. Entón Ian pensou que o mellor sería saír de alí o antes posible e explicárnolo todo.

—Rei Mesías, milagres importantes, trance —exclamou Kneller enfadado—, toda esa historia non ten sentido ningún. A única cousa que non me sorprende en absoluto é que Fredi non quixese volver, sempre lle dixen que era un can desagradecido.

 

Capítulo vinteún

Aquí saen Haim e Lihi na procura do rei Mesías e atópanse por error no mar

Ás sete da mañá, cando a maioría dos invitados á festa aínda durmían deitados na alfombra, Kneller detense no medio do salón cunha bolsa, e di que se lle acabou a paciencia e que quere ver a Fredi xa. Eu e Lihi ofrecémonos a axudarlo. Lihi, a pesar de non crer totalmente todo ese conto do rei Mesías, dixo que non tiña nada que perder por preguntarlle quén eran os responsables e cómo era posible atopalos, e eu pensei que se alí había tanta xente de verdade como Ian dixera, podería ser un bo lugar para buscar a Erga. Amais diso, coa colaboración de Kneller e Ian seguro que non se darían de conta de que alguén os estaba a observar. Kneller quería ir no coche dun amigo seu, pero Ian dixo que só sabía chegar ao lugar a pé. Así que camiñamos tras el, polo bosque, máis de dez horas, ata que comezou a escurecer, e el mesmo admitiu que estaba perdido. Kneller dixo que iso era un bo sinal, porque tamén Ian se perdera a vez pasada, e para celebralo sacou unha cachimba da bolsa. Ian e el déronlle catro bocaladas cada un e pasáronola. Namentres, Lihi e eu decidimos xuntar unhas poucas pólas secas para intentar prender unha fogueira. A única luz que tiñamos era o chisqueiro que lle colleramos a Kneller, que durmía coma un neniño. Cando nos afastamos un pouco del e de Ian, que roncaba ao seu carón, comezamos a escoitar unha voz, un pouco arredada, como se alguén estivese saloucando pero, ao mesmo tempo, tranquilo, e Lihi dixo que lle parecía o mar. Avanzamos nesa dirección e certamente, despois duns metros, chegamos ao mar. É estraño, pero non había ninguén na praia, incluso o mesmo Kneller non mencionara nunca que estabamos preto do mar, podía ser que non o soubesen, que ninguén máis ca nós o soubese. Antes de morrer acostumaba ir moito ao mar, case que todos os días. E cando lembrei iso comprendín mellor todo o que dixera Lihi, o día anterior, sobre as ondas, e sobre iso que dicía, que tiña que regresar. Faleille a Lihi do pai de Ari, que chama escuridade a ese lugar, e ao feito de que toda a xente aí non estea moi a favor de nada, que a maior parte do tempo que estás xunto a eles sénteste como se todo estivese ben, cando a verdade é que xa estás medio morto. E Lihi riu e dixo que a maioría da xente que coñecía, incluso dende moito antes de morrer, estaba medio morta, ou totalmente. Cando dixo iso tocoume, como sen querer, pero non.

Sempre supuxen que se chegaba a traizoar a Erga algunha vez, sería cunha moza que estivese ben boa, de xeito que despois, cando me arrepentise, podería consolarme coa idea de que ela era tan guapa que ninguén sería capaz de dicirlle que non. E a verdade é que Lihi era exactamente así. E esa mesma noite, cando me tocou, sentín que tiña toda a razón, e que o meu estado de ánimo estaba, relativamente, un pouco mellor.

 

Capítulo vintedous

Aquí Kneller dille a Fredi toda a verdade á cara

Eu e Lihi levantámonos ao amencer, a dicir verdade, cos berros de Kneller. Abrimos os ollos, rodeados pola praia que xa non era propiedade privada nosa. Non é que houbese alguén alí, pero agora, coa luz, podiamos ver cómo estaba toda chea de condóns usados. Flotaban na superficie da auga coma medusas, absorbidas pola area do noso arredor coma se fosen cunchas, e todo se encheu de súpeto co cheiro de látex usado que, dalgún xeito, onte conseguira ser engulido polo cheiro do mar. Intentei non golsar, por Lihi, e aperteina forte, forte. Deitámonos así, sen movernos, non sei por canto tempo, coma unha parella de turistas pegados a un chan cheo de minas e esperando un rescate.

—¡Mirádevos! —soltou Kneller de socato dende as árbores—, estaba ben preocupado, ¿por que non contestades cando vos chaman?

Guiounos ao lugar onde podiamos durmir con Ian, e polo camiño explicounos que esa praia fora unha vez unha praia para putas e drogaditos, só que co tempo se puxera tan fea que incluso eles deixaran de ir.

—Non me digades que durmistes alí de verdade— dixo facendo carantoñas á vez que eu e Lihi nos quitabamos a area e todo o que se nos pegara na roupa— ¿para que?

—Así nos gusta o mar— comentou Lihi facéndome un medio sorriso.

—Así vos gustan as enfermidades —corrixiu Kneller mentres camiñaba con ira—, só espero que Ian non desaparecese agora.

E a verdade é que Ian estaba agochado, pero antes de que lograramos comezar a preocuparnos, xa el chegara correndo, dicindo con satisfacción que dera atopado a casa do rei Mesías e que estaba moi preto. O chalé do rei Mesías era verdadeiramente grande, coma esas casas que Erga sempre me amosaba cando iamos visitar aos seus tíos en Cesarea, desa clase de sitios nos que amais de piscina, pista de squash e baño de hidromasaxes, sempre hai un soto coma refuxio nuclear. Cando chegamos, había máis de cen persoas xunto á piscina cun cóctel e algunha comida fría, que seica comezaran o día anterior. Había alí moitos que parecían desmandados, moitos surfistas e tamén xentes do sur e toda clase de persoas, e todos eles parecían moi colocados. Entre todos os convidados estaba Fredi, facendo carantoñas coma se fose un pobre animaliño, e provocando que todos lle desen de comer. Cando Kneller o viu, entoleceu. Parouse fronte a el e comezou a berrarlle que cómo se comportara así con el, especialmente o día do seu aniversario. Díxolle que era un desagradecido e recordoulle toda clase de detalles vergonzosos de cando aínda era un cadelo, mentres Fredi o miraba todo o tempo tranquilo e comendo a modo un anaco de sushi, igual que un iemení mascando gat. Os que estaban ao seu redor trataron de calmar a Kneller, e dixéronlle que Giv arranxaría todo nun momento. Porén, viron que iso non axudaba, polo que intentaron chamar a atención co importante milagre que o Giv ese faría, que só conseguiu poñer a Kneller aínda máis nervioso. Namentres, eu e Lihi quedamos a un lado e lanzámonos sobre os aperitivos, porque xa levabamos un día enteiro sen comer nada. Había moitas cousas que queríamos dicir, mais non dixemos unha soa por culpa do desorde e o bulicio que había, pero estaba claro que non era só por iso. Daquela, de súpeto, chegou Ian dicindo que Giv e a súa noiva querían que Kneller e Fredi fosen ao salón, a ver se entendían qué pasaba, e que aínda sería mellor se nós tamén iamos, porque Kneller estaba seguro de que sería unha auténtica zarangallada. Un pouco antes de entrar escoitamos os berros de Kneller e unha voz canina baixiña que de cando en vez murmuraba:

—Non te alteres, home, non te alteres.

Incluso eu puiden identificar a voz de Erga.

 

Capítulo vintetrés

Aquí Haim atópase finalmente con Erga

Non sei durante canto tempo soñei con ese encontro, polo menos un millón de veces. Menos mal que algo saía ben ao final, e non é que soñase con tantas complicacións, non pensei en nada, para así estar preparado para o que puidese pasar, para o que ela puidese dicir. Erga recoñeceume inmediatamente, correu xunto a min, apertoume e comezou a chorar. Presentoume a Giv, deume a man e dixo que escoitara falar moito de min. Pareceume unha excelente persoa e recoñecina en Lihi, un feito un pouco embarazoso. Lihi non dixo nada, pero vin que en medio de toda esa complicación tamén estaba contenta por min. Deixamos todo detrás e saímos á terraza. Xa na porta puidemos escoitar a Kneller dando un discurso, e Giv, que parecía que xa levaba un bo tempo berrándolle a Fredi, murmuraba palabras de consentimento. Erga contoume qué pasou despois de que eu morrese, que non sabía qué facer de si mesma, que se sentía tan culpable que quería morrer. E cada vez que falaba, comprobaba cómo era exactamente igual a como a lembraba, co mesmo corte de pelo. Todo menos a súa postura, que comezaba a facérseme estraña, xa que morrera ao tirarse do tellado do hospital de maternidade. Erga contoume que despois do meu funeral viaxara aos montes de Galilea e que chorara e chorara todo o camiño, e que cando chegou ao observatorio a primeira cousa que vira fora a Givón, e no mesmo instante no que o viu relaxouse e deixou de chorar. Non é que deixara de estar triste, pero a tristeza xa non era histérica e sucedeu algo non menos profundo, pero que se podía soportar con el. Givón entendía que todos estamos unidos ao mundo terreal, e que hai un mundo supremo ao que podemos chegar, e incluso había outras persoas no observatorio que crían nas súas forzas. Dúas semanas despois de que ela e Givón se coñecesen, el decidiu romper a relación entre o seu corpo e a súa alma, e introducirse no outro mundo, para retornar despois ao seu corpo e amosar a todo o mundo o camiño; pero algo fallou e a alma del nunca regresou. No hospital confirmaron a súa morte definitiva. Ela sentiu cómo el a chamaba dende o lugar a onde chegara, e ela subiu no ascensor ao tellado e saltou dende alí, para estaren xuntos. E agora están xuntos de novo e hoxe Givón vai facer, outra vez, o que intentou en Galilea. A diferenza é que agora ela tamén estaba segura de que o conseguiría e que atoparía o camiño que o apartara dese mundo, e volvería e amosaríao a todos. Despois disto ela comentou outra vez o importante que eu era para ela, e que sabía que me ferira, mais só despois de que eu morrese se deu de conta de cánto me ferira, e que estaba contenta de poder verme outra vez para pedirme desculpas. E durante todo ese tempo non fixen máis que sorrir e asentir coa cabeza. Das veces que soñei con eses encontros, houbo moitas nas que a imaxinei con outro, pero en todas esas ocasións pelexaba, dicíalle cánto a amaba, que ninguén a amaría así, e acariñábaa e tocábaa ata que se me rendía. Pero cando pasou iso de verdade, na terraza, só quixen chegar á situación na que ela me daba un bico amigable na meixela e todo acababa así. E como para salvarme escoitouse, de súpeto, un gong, e Erga explicoume que tiñamos que regresar, porque iso quería dicir que Givón comezaría nun intre, e en vez dun beixo conformouse cunha aperta.

 

Capítulo vintecatro

Aquí Giv promete facer un milagre importante

Cando volvemos ao cuarto, Lihi e Kneller xa non estaban alí. Giv, que agora vestía unha bata deseñada, dixo que xa estaban embaixo, e cando baixei a buscalos na piscina vin a audiencia separada entre homes e mulleres. Atopei a Kneller enseguida, dende lonxe tamén puiden ver a Lihi, que me acenou coa man como preguntando «cómo fora». Non dei pensado ningún movemento que explicase o que pasara con Erga, quixen amosarlle que a amaba, pero pareceume unha copia demasiado mala do que se fai nas películas, así que só sorrín e fixen un xesto como dicindo que falaríamos máis tarde. Kneller dixo que ela lle preguntara algo a Giv, sobre cómo regresar ao mundo dos vivos, e Giv díxolle que era unha perda de tempo, e que el amosaríalle a todo o mundo o camiño cara á un mundo aínda mellor, e cando saíron fóra díxolle a Kneller que o Giv ese non lle parecía máis ca un imbécil.

A música estaba a tal volume que case nin puiden escoitar a Kneller. Sorriunos un pouco a min e a Lihi, e dixo que era a primeira vez que daba cunhas persoas máis inocentes cá el, eu cos meus milagres e ela cos seus soños.

—En vez de morrer —berrou—, deberiades viaxar a California.

Entón vin que acariñaba a Fredi, o que significaba que todo o conflito entre eles rematara. Givón subira ao escenario cunha bata, Erga subira tras el sostendo un coitelo deses que se levan na man, como nos debuxos de Abraham atando ao seu fillo, para cumprir co sacrificio que Deus lle mandara nos típicos «Contos da Biblia para nenos». Do mesmo xeito, entregoulle o coitelo a Givón, e a música parou cun «bum».

—¿Que é todo este sen sentido?— murmurou Kneller ao meu carón—, o home xa está morto, qué é o que quere agora, ¿estar morto dúas veces?

A xente diante de nós deu a volta e mandounos calar, o que me fixo sentir bastante mal, pero iso non fixo mover a Kneller, que dixo que estaba disposto a apostar que Giv na vida faría iso, porque quen morreu unha vez e sabe o que iso doe, non o intentaría outra vez. E no mesmo instante no que acabou de dicir iso, Giv colleu o coitelo e incrustouno no corazón.

 

Capítulo vintecinco

Aquí chega unha Transit branca e comeza toda a desorde

É estraño, pero a pesar de que todas as persoas que estaban ao redor da piscina sabían, en todo momento, o que ía pasar, todos nos sorprendemos. Houbo un silencio, e despois murmurios entre o público. Erga berroulle a todos, dende o escenario, que se calmasen, porque Giv volvería en calquera momento ao seu corpo, pero os rumores na audiencia non cesaron. Ao mesmo tempo, vin a Kneller murmurarlle algo a Fredi e entón, de repente, acendeu o seu chisqueiro, e nuns segundos chegou unha Transit branca que parou xunto ao chalé, e dela saíron dous homes altos e delgados que vestían uns petos brancos, un deles sostendo un megáfono. Kneller correu cara a eles e comezou a falarlles facendo grandes ademáns. Dei en a apurar cara a dirección das mulleres, buscando a Lihi, pero non conseguín vela en ningún sitio. O home do megáfono pediu que todos se dispersasen en silencio. Erga, chorando no escenario, estaba sentada xunto ao cadáver de Giv. Vin que intentou achegarse ao coitelo, pero o outro home co peto anticipouse a ela. Colleu o coitelo, cargou o cadáver de Giv sobre os ombros, e sinalou a Kneller para que escoltase a Erga ata o coche. O home do megáfono pediu outra vez a todos que se dispersasen. A metade da xente comezou a marchar, pero moitos quedaron conxelados no lugar. Xunto ao do altofalante puiden ver a Lihi, tamén ela me viu e intentou achegarse, pero o condutor da Transit, que tamén vestía un peto e falaba coma se estivese nunha especie de adestramento, díxolle que se achegase a el. Lihi indicoume que iría inmediatamente, e eu comecei a avanzar para chegar ao automóbil, empuxando á xente que estorbaba polo medio. Pero ata que conseguín achegarme, Kneller, que sostiña a Fredi por debaixo da pata, e manexaba o megáfono con torpeza, subiu na Transit e marchou. Puiden ver a Lihi pola xanela intentando berrarme algo que non puiden entender. Esa foi a derradeira vez que a vin.

 

Capítulo vinteseis

E con ese ton optimista

Estiven alí esperando algunhas horas, porque ao primeiro pensaba que a Transit só se fora para deixar a Giv e a Erga nalgún lugar, e que Lihi volvería enseguida. Había alí outras persoas, todas deformadas e ningún entendía de verdade o que pasaba. Sentamos nas hamacas que había ao redor da piscina sen dicir palabra. Pouco a pouco a xente marchou, ata que me dei de conta de que estaba só e boteime a andar cara á casa de Kneller.

Cando cheguei alí xa era de noite. Ari contoume que Kneller irrompera na casa para coller algunhas cousas, díxolle a todos que podían quedar tanto tempo como quixesen e despois diso quixo falar a soas con Ari e pedirlle que coidase de Fredi. Reveloulle que en realidade nunca morrera e que durante todo ese tempo fora un anxo, pero que agora, por culpa das marfalladas do rei Mesías, xa se descubrira, así que volvería ser un anxo normal. Sobre Giv, díxolle que non o envexaba, porque se o lugar parecía unha merda no sitio onde morrían a segunda vez a merda era mil veces máis, xa que alí había demasiada xente e todos eles parecían algo excéntricos. Pregunteille a Ari se Kneller dixera algo sobre Lihi, e ao principio dixo que non, pero despois comentou que Kneller lle dixera que cando houbera toda esa lea, Lihi comezara a achegarse ás factorías de Kneller pedindo que lle revisasen a súa bolsa, feito que era un tanto contraditorio. Descubriuse entón que de verdade estaba mal da cabeza e que ninguén sabía qué facer con ela, pero que había bastantes posibilidades de que a sacasen de alí e a levasen xunto a Haim. Ari dixo que ao principio non quería dicirme que non me preocupase, pero que en realidade iso eran boas noticias, porque Lihi chegara onde quería.

Ari decidiu quedar na casa de Kneller coa súa amiga, e eu regresei á cidade só. De camiño incluso conseguín facer un milagre de pura chiripa, e só cando pasou comprendín o que Kneller intentara explicarme sobre a pouca importancia que iso ten. Ari trouxérame un paquete para que llo entregara aos pais, que se alegraron moitísimo cando cheguei e me pediron que explicase todo, principalmente sobre a moza do fillo. O pai dixo que Ari parecía moi contento cando falaran por teléfono, e que toda a familia estaba lista para ir visitalo o mes seguinte. Namentres, invitáronme á cea do venres con eles, e tamén no medio da semana, cando eu quixese. Tamén na pizzería «Kamikaze» se alegraron de que volvese e puxéronme inmediatamente na lista dos horarios de traballo.

Polas noites xa non soño con ela, pero si que penso moito nela. Ari di que é o meu destino –comerme a cabeza coas rapazas coas que non teño ningunha posibilidade. Pode ser que teña razón, e que as posibilidades sexan realmente poucas. Pero por outra banda, unha vez díxome que estar medio morto era bo abondo para ela, e cando subiu á Transit indicoume coa man que nun minuto volvería, vai ti saber. Para ter máis seguridade, cada vez que comezo a miña quenda fago algo pequeno– poño a chapa co nome do revés, e ato mal o mandil para que, se entra algunha vez, non se aburra.

 

 

 

Viño branco con soda do inferno

 

Hai un pobo en Uzbekistán construído exactamente á entrada do inferno. A terra alí é moi mala para a agricultura, os minerais tampouco son grande cousa, e os poucos cartos que a xente consegue rabuñar proveñen, basicamente, do turismo. E cando digo turismo non me refiro aos americanos ricos con camisas hawaianas ou aos xaponeses riseiros que fotografan todo o que se move. Porque... qué é o que teñen que buscar eses nun buraco afastado en Uzbekistán. O turismo do que eu falo é un turismo local, ese é o maioritario.

As persoas que saen do inferno son moi diferentes entre elas, é difícil dar un perfil preciso. Gordos/fracos, con/sen bigote, unha multitude moi variada. Se hai algo que os une a todos é precisamente o comportamento. Todos eles son desa clase de xente calada, cortés. Sempre precisos cos cartos. Nunca intentar regatear. E tamén sempre saben o que queren, case non teñen dúbidas. Entran e preguntan cánto. Empaquétemo/non mo empaquete, e xa está. Todos son desa clase que non se entretén máis cun intre. Só quedan un día e regresan ao inferno. E nunca verás ao mesmo visitante dúas veces, xa que só saen unha vez cada cen anos. Así é, unha regra; como é a de que no período de aprendizaxe saian un sábado de cada tres, ou que na garda estea permitido sentarse cinco minutos cada hora, ou mesmo que os habitantes do inferno teñan un día libre cada cen anos. Se algunha vez houbo unha explicación para iso, hoxe xa ninguén se lembra, e non é máis que unha especie de status quo.

Ana traballou na tenda de ultramarinos do seu avó dende que se lembra. A non ser polos habitantes do lugar non había moitos clientes, pero de cando en vez entraba un cheirando a xofre, e pedía un paquete de cigarros ou chocolate; fose o que fose non o había. Parte deles pedían cousas que seica nunca viran e das que só escoitaron falar a outra alma pecadora. E así é como ela os vía pelexar coas latas de cola ou intentar comer o queixo amarelo co plástico, cousas desas. Ás veces trataba de falar con eles, facerse amiga, pero ningún deles sabía uzbeko ou como se chame á lingua que alí se fala. E ao final, sempre remataban con ela sinalándose a si mesma mentres dicía "Ana", e eles murmurando algo así como Claus ou Su-Yang ou Nisim, pagando e marchando ao seu aire. Ás veces tamén os vía despois diso, polo serán, dando voltas ou sentados na beirarrúa, deambulando pola noite, que lles chega demasiado rápido, e ao día seguinte xa non os vía máis. O seu avó, que tiña unha especie de enfermidade que non o deixaba durmir máis que unha hora pola noite, adoitaba dicirlle cómo os vía, co abrente, baixar de volta cara á porta de entrada, que non quedaba nada afastada do balcón deles. Dende a terraza vía ao pai dela, que xa lle chegara de ruín, baixar tamén pola porta, totalmente bébedo, cantando a canción de sempre. Tamén el volverá dentro duns trinta e pico de anos.

É gracioso, pero pódese dicir que esas persoas foron a cousa máis interesante que lle pasou a Ana. As caras, as roupas extravagantes, os intentos por adiviñar qué cousa tan horrible tiñan que facer para chegar ao inferno. Ás veces, cando estaba aburrida na tenda, inventaba o pecador seguinte que entraría pola porta. Sempre tentaba inventalos moi guapos ou graciosos. E unha vez cada certo tempo podía entrar de verdade un verdadeiro corpazo ou un teimudo tentando comer unha lata de conservas sen abrila antes; así, ela e mailo avó poderían falar disto, despois, durante varios días.

Unha vez chegou un mozo tan guapo que soubo que tiña que estar soa con el. O rapaz mercou viño branco, soda e toda clase de especias picantes, e ela, en vez de facerlle a conta, empurrouno dunha man cara á súa casa, e el, sen entender unha palabra, foi tras dela e intentou facelo, tanto como puido, ata que chegou á fase na que se fixo máis que claro que non podía. Ana abrazouno e sorriulle co sorriso máis grande que puido, para que entendese que non tiña moita importancia. Mais iso non axudou e el continuou chorando ata a mañá. E dende o momento no que se foi, ela rezou todas as noites pedindo que volvese outra vez e que todo saíse ben. Mesmo pediu máis por el que por ela mesma. E cando lle contou isto ao seu avó, este sorriu e díxolle que tiña un bo corazón.

Dous meses despois regresou. Entrou na tenda e mercou un sándwich de pastrama, sorrindo mentres esperaba. O avó de Ana dixo que non podía ser a mesma persoa, porque é sabido que eles saen un só día cada cen anos e que é seguro que ese é o xemelgo do outro ou algo polo estilo, e o certo é que tampouco ela estaba totalmente segura. De todos os xeitos, cando durmiron, iso precisamente estivo ben e el parecía contento, e tamén ela. E de súpeto ela entendeu que quizais non só rezara por el. Despois, el entrou na cociña e atopou a bolsa que lle quedara alí dende entón, coa soda e as especias e o viño, e colleunas e cociñou para Ana e para el unha especie de bebida gasosa que ao mesmo tempo era picante e fría, e que tamén sabía a viño, unha receita que sacara do inferno.

Ao final da noite, cando se vestía para marchar, ela pediulle que non, e el encolleu os ombros con ese movemento típico de alguén que non ten saúde. E así que marchou, ela pediulle que volvese unha terceira vez, se era realmente el, e se non, entón que volvese algún suficientemente parecido como para poder equivocarse outra vez. E unhas semanas despois, cando Ana comezou a trousar, pediu que fose un neno. Mais era un simple virus. Nese tempo, a xente do lugar comezou a falar de prepararse para anular a entrada, bloqueala por dentro. Esas lerias déronlle moito medo a Ana, pero o seu avó díxolle que iso non eran máis que rexoubas da xente aburrida.

—Non tes de que preocuparte —sorriulle— esa entrada xa leva tanto tempo que ningún demo ou anxo se atreverá a pechala na vida.

E ela creullo, ata que unha noite, lembra, sentiu de socato, así, nin sequera no medio dalgún cambio, que a entrada xa non estaba. Entón correu cara afora en camisón e contentouse ao descubrir que el estaba alí. Daquela, recorda, estivo coma un minuto dubidando se entrar ou non. Sentiu como que a apartaban do amor polo mozo aquel, ou da saudade polo seu pai, que fora bastante malo, ou que quizais, máis que nada, dese que non quería quedar só na aldea aburrida na que vivían. Pegou a orella ao vento frío que unha vez houbo na entrada. Puido oír, ao lonxe, algo así como a voz de xente berrando ou correndo, imposible saber de qué verdadeiramente. Estaba certamente afastada. Ao final regresou á cama a durmir e varios días despois a entrada desapareceu de verdade. O inferno continuou estando alí debaixo, pero ninguén máis saíu.

Dende que a entrada desapareceu fíxose máis difícil vivir, á vez que moito máis esgotador e monótono. Ela casou co fillo dos donos da peixería e as dúas tendas uníronse. Tivo varios fillos, e encantáballe contarlles historias, sobre todo acerca desas persoas que adoitaban chegar á tenda cheirando a xofre. Os contos eses asustábanos e acostumaban chorar. A pesares diso, sen entender a causa, ela insistía e continuaba contando.

 

© BIVIR - Asociación de Traductores Galegos, 2005

© da traducción Moncho Iglesias Míguez, 2005