Voltar

Thomas de Quincey

Cartas a un mozo que levou unha educación descoidada

Tradución de Perfecto Andrade

 

 

CARTA I

Estimado señor: Cando tiven o pracer de velo en Ch., por segunda vez na miña vida, preocupoume moito nota-lo desánimo xeral da súa conducta. Agora podo engadir que me sorprendeu moito tamén; xa que a visita do seu curmán fixo que suprimir este sentimento non fose xa unha cuestión de delicadeza. A opinión xeral representárao en posesión de todo o que entra dentro da estimación mundana da felicidade –grande opulencia, reputación sen sombra e liberdade de conexións infelices–. Que tiña a inestimable bendición dunha saúde sen fluctuacións seino pola súa propia autoridade. E as opinións concorrentes dos seus amigos, xunto coas miñas propias oportunidades de observación, non me deixaron lugar para dubidar de que non lle faltaba a derradeira e máis poderosa de entre as fontes de felicidade –unha afortunada constitución de mente, para ámbolos fins, morais e intelectuais–. Todas esas bendicións, reunidas na persoa dun home, e aínda así derrotadas e envelenadas dun xeito misterioso, representaban un problema demasiado interesante para a curiosidade á vez egoísta e xenerosa dos homes, como para que non fose en absoluto marabilloso que nese tempo e lugar fose vostede tema de moita discusión. De vez en cando aventuraban algunhas solucións ó misterio; recordo unha en particular, dunha mociña de dezasete anos, que dixo, con aire sabido, que "era ben coñecido que o abatemento do Sr. M. viña dun vínculo desafortunado na súa vida anterior", a seguridade dela pareceu ter gran peso con outras mociñas de dezaseis anos. Mais, en conxunto, penso que non se propuxo ningunha explicación do asunto nese tempo que me satisfixese, ou que puidese satisfacer a calquera persoa reflexiva.

Ó cabo, a visita do seu curmán L., de camiño a Th., esclareceu o misterio dun xeito máis agradable para min do que o puidera aventurar a anticipar por comunicacións insuficientes no relativo ó que me daría a coñece-la extensión total do desánimo baixo o que vostede traballaba. Permítome chamarlle á tal revelación agradable, en parte con base en que, cando a pena ou desánimo dos nosos amigos non admite un alivio importante é, con todo, satisfactorio coñecer que se lle poden segui-las marcas ata causas dunha adecuada dignidade; e, neste caso particular, non só teño esa seguridade, senón o propósito de contribuír con algunha axuda á súa emancipación desas deprimentes lembranzas, cooperando cos seus propios esforzos, no xeito en que vostede sinalou, para supli-los defectos da súa primeira educación.

L. explicoume todo o que a súa carta deixara imperfecto; en particular, como foi que vostede chegou a quedar defraudado da educación á que incluso as súas primeiras e máis humildes perspectivas lle deran título, con qué heroicos esforzos, pero que en van, vostede traballou para reparar esta, a maior das perdas, qué notables acontecementos concorreron para erguelo a vostede ó seu presente estado de prosperidade e tódalas outras circunstancias que parecían necesarias para poñerme completamente en posesión dos seus actuais desexos e intencións.

As dúas preguntas que vostede me dirixiu por medio del contesteinas abaixo: eran preguntas que podía responder facilmente e sen meditación; pero no relativo ó asunto principal da nosa futura correspondencia, é de tanto peso e pide unha atención tan detida (o que penso mesmo eu, que lle teño dado voltas ós puntos principais case a diario durante varios anos), que o gardaría de boa gana completamente separado da carta apresurada que agora estou obrigado a escribir; con esta xustificación abstereime de entrar agora sobre a serie de cartas que lle prometín, o que faría incluso se pensase que as respostas ás súas dúas preguntas de abaixo non esgotaran o meu tempo.

Á súa primeira pregunta –se a vostede, cos seus propósitos e á súa idade de trinta e dous anos, unha residencia ben fose nunha das nosas universidades inglesas ou en calquera universidade estranxeira, lle pode ser dalgún servicio– a miña resposta é firme e indubidablemente: Non. A maioría dos estudiantes do seu nivel, nun sentido académico, serían doce ou catorce anos máis novos ca vostede; unha disparidade de idade que só podería facer da súa sociedade unha carga mutua. ¿Que podería logo buscar vostede nunha universidade? ¿Clases? Estas, xa sexan públicas ou privadas, son de seguro o peor de tódolos modos de adquirir calquera xeito de coñecemento cumprido; e son tan inferiores a un bo libro sobre o mesmo asunto como ese mesmo libro lido rapidamente en voz alta e despois retirado inmediatamente sería inferior ó mesmo libro deixado na súa posesión e aberto a calquera hora para ser consultado, percorrido de novo, confrontado e, no sentido máis pleno, estudiado. Pero, ademais disto, as clases universitarias están adaptadas, naturalmente, non tanto ó propósito xeral de comunicar coñecementos como ó propósito específico de adaptarse a unha forma particular de exames por títulos e a unha profesión particular á que se sabe que o completo curso da educación está dirixido. As dúas únicas vantaxes que as clases sempre poderán adquirir, para equilibrar aquelas que preceden, son: primeira, a obvia dun aparato para despregar experimentos ilustrativos mellor do que a maioría dos estudiantes poden ter ó seu mando, e non é necesario mencionar os casos en que esto se fai importante, segunda, a vantaxe dunha expresión retórica, cando iso é de algunha utilidade (coma nas clases de poesía, etc.) Estas, sen embargo, son vantaxes que se poden conseguir máis facilmente nunha gran capital que na máis espléndida universidade. ¿Que lle queda logo a universidade salvo as súas bibliotecas? E, con respecto a estas, a resposta é curta: ás maiores os estudiantes non teñen libre acceso, ás inferiores (ás do seu colexio, etc.), as bibliotecas das grandes cidades son a miúdo iguais ou superiores; e para os simples propósitos de estudio, a súa propia biblioteca privada é moito máis preferible á Bodleian ou á Vaticana. Para vostede, pois, unha universidade non pode ofrecer atracción excepto na asunción de que vostede vexa causa para adoptar unha profesión; e, como un título dunha universidade sería en tal caso útil (e indispensable excepto para o foro) a súa determinación sobre esta cuestión debe aínda depender da que forme sobre a segunda.

Nesta segunda pregunta pídeme a miña opinión sobre o undécimo capítulo da Biographia Literaria do Sr Coleridge, aplicada ás circunstancias nas que se sitúa vostede. Este capítulo, para expresa-la súa substancia nos termos máis xerais, é unha disuasión do que Herder, nunha pasaxe citada alí, chama "Die Autorschaft", ou como o Sr. Coleridge o expresa: "o oficio da autoría"; e o conxunto da opinión é que por motivo da súa propia felicidade e respectabilidade, cada home debería adoptar algún oficio ou profesión, e debería facer da literatura unha procura subordinada. Sobre esta opinión, entendo que me pregunta, primeiro, se se debe interpretar naturalmente como extensiva a casos como é o seu, e segundo, de ser así, ¿cal é o meu xuízo sobre a tal opinión nesta extensión? No relativo ó meu xuízo sobre esta opinión, supoñendo que se dirixa a homes da súa idade e situación, recollerá facilmente, de todo o que direi, que penso que é tan mala como boamente se pode dar.

Renunciando a isto, sen embargo, e para considera-la súa outra pregunta –en qué sentido e con qué restriccións se ha de interpreta-lo capítulo enteiro– isto é un punto que considero materia nada fácil de asentar. O Sr. Coleridge, que non ofende usualmente por lasitude e indecisión de propósito, ten, neste caso, permitido que os mesmos temas da súa opinión deriven e fluctúen diante del; e do principio á fin, nada está construído firmemente para que o entendemento o aprehenda, nin están os fundamentos do xuízo mantidos establemente. Do título do capítulo (un exhorto afeccionado ós que na vida temperán se senten dispostos a facerse autores), e, das palabras expresas de Herder na pasaxe citada por el como palabras finais do capítulo, as cales desprezan a "autoría" só en tanto "zu früh oder unmässig gebraucht" (practicada demasiado cedo ou con demasiado pouca mesura) sería unha presunción natural que os consellos do Sr. Coleridge consideraban principalmente ou só o caso de autores moi novos, e a desafortunada sede de distinción prematura. E se ese fose o propósito do capítulo, exceptuando que o mal implicado en tal caso non é moi grande, e é interceptado xeralmente polas dificultades que prevén, e castigado de máis polas mortificacións que alcanzan os tales actos xuvenís de presunción, habería lugar para diferir co Sr. Coleridge, excepto no que fai á adecuación de ocupa-los seus grandes poderes con temas de interese tan trivial. Pero este, aínda que polo título debería selo naturalmente, non é o mal ou a parte del que o Sr. Coleridge está contemplando. O que o Sr. Coleridge ten realmente á vista son dúas obxeccións moi diferentes en literatura como principal procura na vida, que, coma dixen, alternan continuamente unha coa outra coma obxectos dos seus argumentos, e ás veces implícanse malia ser incapaces de mesturarse nunha coalición real. As obxeccións instadas son: Primeira, respecto á literatura considerada coma un medio de vida, como outra parte dos recursos nos que un home debería permitirse confiar para os seus ingresos habituais, ou o seu crédito mundano e a súa respectabilidade. Aquí, os males anticipados polo Sr. Coleridge son dun carácter alto e positivo, e tales que tenden directamente a degradar o carácter, e indirectamente a agravar algúns males domésticos. Segunda, respecto á literatura considerada coma un medio para ocupar suficientemente o intelecto. Aquí o mal aprehendido é un mal por defecto; alégase que a literatura non é adecuada ó principal fin de dar un estímulo debido e regular á mente e ó espírito, agás se é que se combina con outros chamamentos ó exercicio mental de recorrencia periódica –determinados por una causa superior que actúe desde o exterior– e independente, polo tanto, dos accidentes da vontade individual, ou dos caprichos dun sentimento momentáneo que abrolle do estado de ánimo ou da saúde do corpo. Sobre a derradeira obxección, moito máis importante en calquera caso, e a única aplicable ó seu, gustaríame dicir unha palabra; porque os meus pensamentos sobre ese asunto son da abundancia do meu corazón e tirados das mesmas profundidades da miña experiencia. Se algunha vez existiu un home que pode reclama-lo privilexio de falar con énfase e autoridade sobre esta gran cuestión –por qué medios pode un home soportar do mellor xeito a actividade da súa mente en soidade–, probablemente eu son ese home; e con esta base, que eu pasei máis tempo da miña vida en absoluta e non mitigada soidade, voluntariamente, e por propósitos intelectuais, que calquera outra persoa da miña idade que coñecese, oíse dela, ou lese dela. Con tales pretensións, ¿que é o que ofrezo como resultado da miña propia experiencia, e ata ónde coincide coa doutrina do Sr. Coleridge? En breve, isto: estou de acordo completamente con el en que a literatura, na acepción propia do termo, denotando o que doutro xeito se chama Belles Lettres etc. –é dicir, a máis eminente das belas artes, e entendida de tal maneira que exclúe calquera tipo de ciencia– non é, para usar unha palabra grega, autarkhés, –non é autosuficiente–; non, nin sequera cando a mente avanzou tanto que pode trae-lo que ata o momento pasou por cuestións simplemente literarias ou estéticas baixo a luz dos principios filosóficos; cando problemas de "gusto" se expandiron en problemas da natureza humana. ¿E por que? Simplemente por esta razón, que o noso poder para exerce-las nosas facultades en tales materias, non está como está noutras, en desafío co noso propio espírito; as dificultades e as resistencias ó noso progreso nestas investigacións non son susceptibles de partición minuciosa e igual (coma nas matemáticas); e en consecuencia, os movementos da mente non poden ser continuos, senón que son necesariamente tumultuosos e per saltum, ou non son. Cando, polo contrario, a dificultade está case igualmente dispersa e distribuída nunha serie de chanzos, ningún dos cales pide un esforzo sensiblemente maior có resto, non se lle pide nada ó estudiante alén desa especie de aplicación e atención coherente que, nun estudiante sincero de calquera nivel, se pode supor como un hábito xa establecido inveteradamente. O dilema, pois, ó que un estudiante de literatura pura está reducido continuamente –un estudiante, supoñamos, coma os Schlegel, ou calquera outro home que non cultivase familiaridade coas ciencias máis severas– é este: ou estudia literatura como un simple home de gusto, e quizais tamén coma filólogo –e nese caso o seu entendemento debe atopar unha falta diaria dun exercicio masculino que o chame e o ocupe– ou (o que é a cousa máis rara do mundo), tendo empezado a estudiar literatura como filósofo, busca renovar ese elevado andar de estudio en tódalas oportunidades; pero este é a miúdo un esforzo tan sen esperanza como sería para un gran poeta tomar asento en calquera predeterminación para compoñer no seu carácter de poeta. De aquí, en consecuencia, se (como ocorre a miúdo) non cultivou eses estudios (matemáticas p.ex.) que presentan tales dificultades que inclinarían a un resolto esforzo da mente, e que teñen a recomendación adicional de que son aptos para irritar e estimula-la mente a facer ese esforzo, é a miúdo botado para diante polas mesmas arelas dun intelecto insatisfeito, e non por paixón ou inclinación, sobre algún vulgar estímulo de negocio ou pracer, que se fai cada vez máis necesario para el.

Faríame unha inxustiza a min mesmo se fose dicir que debía esta visión do caso só á miña única experiencia; a verdade é que eu prevín facilmente, na suxestión case dun instante, que a literatura non sería suficiente para a miña mente cos meus propósitos. Eu prevín isto, e provín para iso desde o principio mesmo; ¿pero como? Non no xeito recomendado polo Sr. Coleridge; senón de acordo cun plan que vostede recollerá das cartas que vou escribir, e que, por tanto, non necesito anticipar aquí. ¿Que, dirá vostede, sen embargo (xa que esta é a principal cuestión), que éxito tivo? ¿Permitiume mirar atrás na miña propia vida, e considerala na súa totalidade unha vida feliz? Respondo con calma, e con sinceridade de corazón: si. Para vostede, co seu coñecemento da vida, non necesito dicir que é unha cousa va para calquera home esperar poder chegar á miña idade sen moitos problemas; cada home ten os seus, e máis especialmente o que non se illou neste mundo, senón que formou vínculos e conexións, e multiplicou deste xeito as avenidas polas que a súa paz pode ser asediada. Pero, deixando a parte estas inevitables deduccións, asegúrolle que a grande conta dos meus días, de sumáranse, presentaría unha grande inclinación de ledicia na balanza, e de ledicia durante eses anos que vivín en soidade, de necesidade derivada exclusivamente de fontes intelectuais. O tal mal, de feito, coma o tempo pesando arreo nas miñas mans, nunca o experimentei por un momento. Por outro lado, para ilustra-los beneficios do meu plano cunha imaxe do plano oposto, aínda que perseguido baixo as máis espléndidas vantaxes, eu dirixiría os seus ollos cara ó caso dun eminente inglés vivo, con talentos de primeira orde, e, sen embargo, baixo a evidencia de tódalas súas obras, insatisfeito en todo momento consigo mesmo ou con calquera da súa idade. Este inglés, empezou na vida , segundo conxecturo, cun plano de estudio modelado no de Leibnitz, é dicir, proxectou facerse (como Leibnitz moi verdadeiramente foi) un Polyhistor, ou estudiante católico. Por esta razón, e porque a unha idade moi temperá eu familiarizárame cos escritos de Leibnitz, tiven a miúdo a tentación de debuxar un paralelo entre ese eminente alemán e o non menos eminente inglés do que falo. En moitas cousas coincidían; farei notar estas noutra ocasión; só direi, en xeral, que así como ambos tiñan mentes non simplemente poderosas, senón distinguidas pola variedade e o compás do poder, do mesmo xeito estes dons estaban en ambos completados e cumpridos por traballos de resistencia e continuidade hercúlea, pola alianza dunha constitución de corpo semellante á dos cabalos. Eran centauros: intelectos heroicos con capacidades brutais de corpo. ¡Que parcialidade na natureza! En xeral un home ten razóns para considerarase afortunado na gran lotería desta vida se tira o premio dun estómago san sen mente, ou o premio dun bo intelecto cun estómago tolo; pero que calquera home tirase os dous é realmente asombroso, e, supoño, pasa só unha vez por século. Ata aí (aínda que de feito en moito máis) coincidían. Os puntos de diferencia eran moitos, e non menos notables. Alegarei dous pertinentes para o asunto que teño diante. Primeiro, notei que Leibnitz, aínda que ansioso por bota-la súa mente sobre a enciclopedia enteira da investigación humana, non esqueceu sen embargo paga-lo prezo polo que se pode gañar calquera dereito a ser discursivo dese xeito. Sacrificouse ás musas máis austeras. Coñecendo que Deus xeometriza eternamente, supuxo ó dereito que no templo universal Mathesis debe proporciona-la chave mestra que abriría os máis dos santuarios. O inglés, polo contrario, notei que era demasiado indulxente consigo mesmo, e case un voluptuoso nos seus estudios; aforrándose calquera instrumento, e pensando, aparentemente, evita-la necesidade de poder artificial por un exercicio extraordinario do seu propio poder nativo. Nin de rapaz nin de home se sometera a ningún estudio ou disciplina de pensamento regulares. A súa elección de temas recaera demasiado entre os dependentes da política, ou intereses bastante fugaces; e cando isto non pasara, nunca sen embargo entre os que admitían un estudio e pensamento continuo, e que apoian o espírito por influxos perpetuos de pracer, a causa do constante sentido de éxito e da dificultade superada. En canto ó uso dos libros, o alemán fora un lector discursivo, e o inglés un lector asistemático.

En segundo lugar, notei que Leibnitz era sempre amable e ledo, moi educado e comunicativo cos seus compañeiros de traballo na literatura ou na ciencia; cunha soa excepción (que queda, penso, como a única mancha na súa memoria), xusto, e mesmo xenerosamente xusto, coas demandas dos outros; non censor e sen embargo paciente coa censura; disposto a ensinar e aínda máis a ser ensinado. O noso contemporáneo inglés non era, penso, naturalmente menos amable que Leibnitz; e en consecuencia adscribo ó seu desafortunado plano de estudios –que o deixaba, de necesidade, demasiado a cotío sen temas para o exercicio intelectual excepto os que non se poden proseguir con éxito, salvo nun estado de espírito xenial– que o atopemos sempre de mal humor, destemperado, e en desharmonía con sentimentos faltos de caridade; dirixindo un espírito de crítica demasiado áspero e cáustico contra a época na que vive, ás veces mesmo contra individuos; queixoso baixo a crítica, case ata o punto de crerse el mesmo obxecto de conspiracións e de persecución organizada; finalmente (o que para min é a parte máis escura do retrato), nunca consentiría en crer que calquera home da súa idade (polo menos do seu país) puidese ensinarlle algo –profesando tódalas súas obrigas ós que están mortos, ou senón a algún ferruxento vello alemán–; nin finalmente consentiría en ensinarlles a outros, coa sinxela magnanimidade dun estudioso, que non buscaría enganar ou confundir ó seu pupilo, ou alumear só con medias luces, nin poñerse en garda contra o lector, coma unha persoa que busca crecer coñecéndose a si mesma. Polo contrario, que podería alegrarse ó crer –se o puidese crer– que todo o mundo coñecese tanto coma el; e que adoptase como o seu motto (o que me da orgullo ter feito desde os meus primeiros días) a sinxela grandeza de esta liña na descrición de Chaucer do seu estudioso:

Que ledo aprendería e ledo ensinaría

Tales eran os dous trazos de diferencia que tiven perpetuamente ocasión de notar entre estes dous grandes estudiosos, tan semellantes entre eles en tantos outros trazos. En xeral, pensaríase que eses dous trazos poderían existir independentemente; pero, coa miña previa teoría da necesidade de que, en tódolos casos, estudios de efecto tan incerto e mesmo mórbido sobre o espírito como a literatura, deberían combinarse cun exercicio analítico de inevitable acción saudable, neste sentido era natural que conectase os dous na miña mente como causa e efecto; e neste aspecto, déronlle unha dobre atestación á opinión do Sr. Coleridge no que coincide coa miña, e á miña no que difire da del.

Ata aquí considerei a opinión do Sr. Coleridge simplemente no que respecta ó estudiante. Pero o obxecto dos seus estudios tamén ten título para algunha consideración. Se fose mellor para o corpo literario que todos seguisen unha profesión como o seu ergon (ou ocupación), e a literatura como un parergon (unha accesoria ou simple ocupación secundaria), ¿ata onde é verosímil que a literatura mesma se beneficie do tal arranxo? O Sr. Coleridge insiste en que si; e na páxina 225 alega sete nomes, ós que na páxina 233 engade un oitavo, de home célebres, "que amosaron a posibilidade de combinar realizacións de peso en literatura cun emprego pleno e independente". Con varios fundamentos sería fácil, penso, recorta-la lista, coma unha lista favorable de calquera xeito ó propósito do Sr. Coleridge, a un nome, i. e., o de Lord Bacon. Pero deixando á parte estes exemplos, considerémo-los seus argumentos. A ocupación principal, o ergon, despois de esgota-las forzas dun home durante o día, suponse que lle deixa tres horas pola noite para o parergon. Agora ben, temos que considerar que ó noso brillante ideal de literatus pódelle ocorrer que estea casado –de feito, o Sr. Coleridge está de acordo en concederlle unha muller–. Supoñamos unha muller, polo tanto; e aínda mais, porque doutro xeito quizais colla unha sen o noso permiso. Eu pregunto, pois, ¿a que porción desas tres horas vai renunciar o noso estudiante polo pracer da sociedade da súa muller? Porque, se un home atopa pracer na compaña da súa muller en calquera momento, considero outorgado que quererá pasa-la noitiña con ela. Bo, se vostede cre iso (di o Sr. Coleridge, en efecto, que supuxese primeiro que o home douto "se retiraría ó seu estudio"), de feito non ten que retirarse. ¿Como fai, logo? Vaites, vai estudiar, non no seu estudio, senón na sala, mentres "o silencio social, ou as voces non molestas da muller ou da irmá, serán coma unha atmosfera reparadora". O silencio, por certo, é un modo estraño de pracer social. Eu non sei o que o Sr. Coleridge fai cando senta cunha moza; pola miña parte fago "mon possible" para entretela con ambos, o meu enxeño e a miña sabedoría; e estou contento de oíla falar, mesmo se por azar fose a miña propia muller; e nunca penso en tolera-lo silencio por un instante. Pero, para non discutir sobre gustos, ¿que é esa "irmá" que tan ledamente se introduce na festa? A muller, compréndoo, pero no Norte de Inglaterra, ou en calquera lugar no que eu vivín, as mulleres non lles regalan ós homes irmás, senón fillos. Supoñamos, pois, que a muller do noso estudioso lle dese un fillo; ou o que é máis ruidoso, unha filla; ou o que é máis ruidoso aínda ca calquera deles, ámbolos dous. ¿Que hai que facer logo? ¡Velaí unha audiencia chea de adoración por un filósofo! –¡velaquí unha prometedora compaña para "voces que non molestan" e "silencio social"!–. Admiro o xeito que ten o Sr. Coleridge de pecha-lo ollo sobre este asunto, de enmascarar esta nova batería cunha "irmá". Os rapaces, sen embargo, son incidentes que ocorren e acontecerán nesta vida, e non debe un pecha-los ollos sobre eles. Teño visto o caso unha e outra vez; e digo, e dígoo con pena, que non hai máis respecto pola filosofía dentro desta vizosa parte da sociedade có que o Sr. Coleridge e mais eu temos pola filosofía francesa. Poden, sen embargo, ser desterrados ó cuarto da ama. É certo, pero se algunha vez se admiten na sala, en casas onde non se garda moita compaña, observo que esta visita é do máis interesante para tódalas reunións do serán; e se fosen admitidos de calquera outro xeito, ningún estudiante de boa natureza querería que os seus libros fosen cargados coa súa expulsión. Despois de todo, sen embargo, está claro que a voz do Sr. Coleridge está polo sistema de "retiro"; e danos a entender ben claramente (p 230) que é moito mellor para os homes estar separados das súas mulleres durante o día. Pero ó dicir isto, esquece que, no caso en consideración, a cuestión non é tanto se van estar sempre separados como se van verse algunha vez. Por certo que de toma-lo que o Sr. Coleridge di sobre o tema coma dirixido ós homes literarios especialmente, non sei por qué se ten que supoñer que previsiblemente van facer máis matrimonios infelices que outros homes. Non teñen que pasar máis tempo coas súas mulleres cós cabaleiros do campo, ou os homes xeralmente sen profesión. Por outra banda, se temos que entende-las palabras do Sr. Coleridge como de aplicación universal, espero que nos estea dando unha visión moi inxusta do tenor medio da vida neste importante particular. Aínda así, se ten que darse por sentado que os homes discutirán, e teñen que discutir coas súas mulleres, ou as súas mulleres con eles, excepto se están separados, ¿non solucionaría o problema unha gran pantalla? ¿Ou, non pode o home estudiado, nada máis acabar de almorzar, facerlle unha reverencia a súa muller e retirarse á súa biblioteca, onde pode estudiar ou estar amolado segundo o seu gusto, deixándoa o resto do día que se divirta ou se empregue no xeito máis agradable para o seu sexo, rango, e previa educación? Pero, de calquera xeito que se dispoña desta dificultade, un punto está claro para o meu xuízo: que a literatura ten que decaer se non temos unha clase completamente dedicada ó seu servicio –non perseguíndoa só como divertimento, con mentes cansadas e preocupadas–. O reproche de ser unha "nation boutiquière", agora tan eminentemente inaplicable ós ingleses, faríase xusto, e xusto no máis desafortunado sentido, se, de tódolos nosos sobrecargados oficios e profesións non puidesemos aforrar homes abondo para compoñer unha guarnición de garda permanente para o servicio dos máis altos propósitos que gracian e dignifican a nosa natureza.

Vostede non inferirá de todo isto ningún abatemento no meu vello respecto polas varias e grandes facultades do Sr. Coleridge; ningún home as admira máis. Pero non hai traizón, espero, en empezar un pequeno xogo de vez en cando nas matogueiras de The Friend, a Biographia literaria, ou incluso dos Sermóns do Sr. Coleridge, considerando que son laicos. Os mozos deben ter algún exercicio neste tempo frío. De aquí en adiante terei ocasión de romper unha lanza co Sr. Coleridge sobre cuestións máis difíciles; e aledarame moito se o divertimento, que convertirei na miña ocupación, de sacar cachos da dura roca da súa metafísica dándolle co martelo, tentase a alguén a mira-los seus valiosos escritos, ou tentase ó Sr. Coleridge a saír do seu agocho cara a unha paixón filosófica, e a atacarme coa mesma liberdade. Tal exhibición ha de ser divertida para o público. Ocórreseme que dous transcendentalistas, que tamén son dous ------s, dificilmente teñen que terse espido antes en ningún ring. Pero, por certo, gustaríame que me deixase a min e a outros mozos o transcendentalismo, porque para dici-la verdade, non prospera nas súas mans. Tomarei cargo dos principios públicos neste punto, e así el estará máis ó xeito para darnos outro Ancient Mariner, que, eu respondo diso, todo o corpo literario recibirá con gratitude e fervente "plaudite".

_______________

1 Que isto aparece na mesma cara dos seus escritos, pódese inferir dun traballo alemán, publicado haberá dous anos, por un avogado de Hamburgo (penso) –o Sr. Jacobs–. O tema do libro é a Literatura Moderna de Inglaterra, coas vidas, etc. dos autores máis populares. Está composto en gran medida a partir de xornais literarios ingleses, mais non sempre; e no caso particular do autor ó que agora se alude, o Sr Jacobs impútalle non só unha sensibilidade demasiado viva á censura, senón unha absoluta "wasserscheue" (hidrofobia) con respecto ós comentadores e críticos. Como chegou o Sr. Jacobs a usar unha expresión tan forte, ou esta expresión particular, non o podo adiviñar, salvo que fose que lle pasase de ver (o que, sen embargo, non aparece) nun traballo deste elocuente inglés a seguinte oración pintoresca: "por unha desmesurada extensión do adaxio, ´Noscitur a socio´, os meus amigos nunca están baixo a fervenza da crítica, pero a min móllanme as salpicaduras". ¡Salpicaduras, vaites! Gustaríame que algúns de nós non coñecesemos máis desas anoxadas fervenzas cás súas salpicaduras.

 

 

 

CARTA II

ESBOZO DO TRABALLO – NOTICIA DE ANTERIORES ESCRITORES

QUE TRATARON O MESMO ASUNTO

Estimado M.: Nesta, a miña segunda e derradeira carta de prefacio, asentarei a idea e a disposición das miñas notas. Haberá en total sete, catro das cales amosarán o material no que o estudiante ha de traballar; as outras tres, os instrumentos cos que o labor se ha de conducir. Primeiro qué hai que facer, en segundo lugar cómo, é a distribución natural e obvia do traballo; é dicir, a cousa é asignar primeiro o fin e, en segundo lugar, os medios. E como o fin debería razoablemente determinar os medios, parecería natural que, na disposición do traballo, todo o que ten que ver con isto tivese precedencia. Sen embargo, teño a intención de inverter esta orden, e pola seguinte razón: toda esa parte dos medios, que están tan determinados polo fin para presumi-lo seu desenvolvemento completo e circunstancial, pódese concluír que están especialmente restrinxidos a ese fin individual. Proporcionalmente a esta restricción serán, en consecuencia, de aplicación estreita, e trataranse mellor en conexión directa, e concorrentemente co obxecto ó que están deste xeito adecuados. Por outra parte, eses medios ou instrumentos de pensamento, que son suficientemente complexos e importantes para reclamar unha atención separada para eles mesmos, son xeralmente dun uso tan amplo e extenso que pertencen indistintamente a tódolos esquemas de estudio, e poden ser tomados como premisas en calquera plano, por moi novo que sexa nos seus principios ou peculiar nas súas tendencias. ¿Cales son eses instrumentos xerais de estudio? De acordo co meu punto de vista son tres: primeiro, a Lóxica; en segundo lugar as linguas; en terceiro lugar, as Artes da Memoria. Con respecto a estes, non é necesario que se dea previamente ningún fin especial. Sexa cal sexa o seu fin, cada estudiante ten que ter pensamentos para dispor, coñecementos para transplantar, e feitos para recordar. Os medios que son deste xeito requisitos universais poden sen perigo ter precedencia sobre o fin; e non será pó-lo carro diante dos bois se dedico as miñas tres primeiras cartas ós varios asuntos da Lóxica, as linguas e as Artes da Memoria, que comporán unha metade do meu esquema, deixando á outra metade a tarefa de desenvolve-lo curso do estudio para o que se poderá dispoñer destes instrumentos. Tendo asentada deste xeito a disposición, e, en consecuencia, implicitamente, tendo asentada a idea ou ratio do meu esquema, continuarei engadindo o necesario para confina-las súas expectativas ó camiño acertado, e prever que vaian por encima ou por debaixo do branco ó que apunto. Profeso, pois, ateigar algo moito máis alto que simples direccións para un curso de lecturas. Non é que ese traballo non sexa de eminente servicio; e particularmente neste tempo, e cunha adaptación constante ó caso dos homes ricos non letrados, son da opinión de que non se podería levar a cabo un libro máis útil que unha serie de cartas (dirixidas, por exemplo, ós señores do campo, comerciantes, etc.) sobre a formación dunha biblioteca. Os usos dun tal tratado, non son, sen embargo, os que contemplo; porque ou ben presuporía e referiríase a un plano de estudio xa definido –e baixo esa luz é un simple complemento do plano que me propoño executar– ou ben intentaría implicar un plano de estudio nas lecturas suxeridas; e iso sería nin máis nin menos que facer in concreto o que é moito máis conveniente así como filosófico (como eu vou facer agora) facer directamente e in abstracto. Un simple curso de lecturas, en consecuencia, está moito máis abaixo do que eu propoño; por outra parte, un órganon do entendemento humano está moito máis arriba. Tal obra é traballo para unha vida; é dicir, aínda que só ocupase unha pequena parte de cada día, non podería de ningún outro xeito acumula-los seus materiais que mantendo a mente permanentemente en garda para colle-las noticias que ocorren diariamente no curso dunha vida baixo o favor de accidente ou ocasión. Corenta anos non son un período demasiado amplo para o tal traballo; e o meu presente traballo, malia ser meditado maduramente, ten que ser executado con rapidez. Aquí, de feito, non fago máis que esbozar ou trazar en bosquexo (hos en typo perilabein) o que alí sería a miña obriga desenvolver, encher en detalle, aplicar, e ilustrar na máis extensa escala.

Despois de intentar na miña primeira parte poñelo en posesión do mellor método para adquiri-los instrumentos de estudio; e con respecto á lóxica en particular, tendo dirixido unha luz filosófica sobre o seu verdadeiro significado e propósito, coa esperanza de extinguir esa anarquía de erros que posúen este terreo desde o tempo de Lord Bacon asta o momento no que escribo, dirixireime despois, na segunda división, á cuestión dos fins. Sobre esta palabra, déixeme distinguir: sobre os fins, nun sentido absoluto, como fins últimos, é presunción para calquera ser humano ofrecer consello a outro de idade madura. Un consello de tal sorte, dado baixo calquera baleiras presuncións de amabilidade, ten que verse como arrogancia na súa forma máis repulsiva; e ha de rexeitarse con esa sorte de desdén sumario, do que calquera home de natureza non servil daría testemuña cara ó que intentase influencia-la súa elección dunha muller. Un estudiante de idade madura debe presumirse que está mellor familiarizado cos seus propios talentos e as súas propias inseguridades intelectuais, co seu "forte" e o seu "foible", coa súa anterior experiencia de derrota ou éxito, e coa dirección á que apuntan as súas inclinacións. Lonxe de min violar co espírito dos meus consellos un orgullo tan razoable, que en verdade teño por sagrado. O meu esquema toma un terreo máis humilde. Con fins, de feito, nun sentido secundario, a derradeira metade ten a intención de tratar; pero con fins tales que, malia portar ese carácter en relación co que é pura e simplemente instrumental, vólvense medios en relación cos fins chamados así de xeito absoluto. A aplicación final dos seus poderes e coñecemento só a pode determinar vostede; as miñas pretensións respecto a tal elección limítanse a isto, que profeso situar a vostede nun terreo de vantaxe a partir do cal vostede a poida determinar máis sabiamente, determinándoa desde un punto de vixía máis alto. O meu propósito non é traza-lo mapa do curso completo da súa viaxe, senón servir como guía ata unha estación na que vostede sexa capaz de establece-lo seu camiño futuro por vostede mesmo. A primeira metade do meu traballa xa lla describín; a derradeira metade esfórzase en construír un sistema de estudio tal que combine estas dúas vantaxes: 1. Unidade sistemática; isto é, un principio de cohesión interna de tal forma que as diferentes partes do plano poidan achegarse asistencia de xeito intercambiable. 2. Un ámbito de relacións externas o máis amplo posible. Algúns imperios, xa o sabe, están construídos para o crecemento; outros son esencialmente non progresivos, pero están construídos para a duración, nun principio de forte cohesión interna. Os sistemas de coñecemento, sen embargo, e os esquemas de estudio, deberían propoñe-los dous fins: deberían tomar fundamentos amplos e profundos,

"e establecer grandes bases para a eternidade,"

o que é a chave máis segura para a conexión interna e sistemática; e secundariamente, deberían prover para un futuro crecemento e acrecentamento, considerando todo o coñecemento coma un núcleo e centro de acumulación para outros coñecementos. É neste derradeiro principio, por certo, no que o sistema de educación nas nosas escolas públicas, malia ser deficiente doutro xeito, é xustamente considerado superior ás novidades especiosas das nosas academias suburbanas; porque é máis radical, e adaptado a unha superestructura máis ampla. Tal, digo, é o carácter do meu esquema; e polo mesmo acto de reclamar, como un dos seus beneficios, que o deixa a vostede no centro de amplas e comprensivas relacións con outras partes do coñecemento, é bastante aparente que non intento suxerir en cal dirección desas múltiples relacións debería avanzar despois; iso, como xa expliquei agora suficientemente, deixarase ó seu propio autocoñecemento; pero ó seu propio coñecemento iluminado no punto no que o deixarei por outros coñecementos que o meu esquema de estudio profesa comunicar.

Deste esbozo xeral do meu plano diríxeme unha fácil transición a unha pregunta súa, relativa ós méritos dos máis célebres entre os que pisaron o mesmo terreo noutros tempos. Exceptuando só un pequeno tratado de Erasmo, De Ratione Studii, tódolos ensaios sobre este asunto de eminentes autores continentais apareceron no século XVII; e destes, unha ampla maioría antes do ano 1640. Estaban escritos universalmente en latín; e, como o latín daquela época era bo, ata aí son agradables de ler; alén disto, e da gabanza da elegancia na súa composición e disposición, non teño moito que dicir no seu favor. Sobre o ano 1645, Lewis Elzevir publicou un corpus destes ensaios, que fan en total a suma de vintecatro. En cuestión de elegancia e sentido común, os seus méritos son varios; ata aí difiren; pero respecto ó punto principal, teñen unha igualdade lamentable de pretensión –sendo todos baleiros e carentes de calquera uso práctico–.1 Non podo darlle unha idea mellor do seu verdadeiro lugar e relación coa clase de traballos que vostede anda procurando, que mediante unha analoxía tirada da idea da poesía didáctica, coma existe na literatura romana e na nosa. Tan completamente é isto mal entendido ás veces, que xa teño visto insistir en considerar como un mérito nun poema didáctico que a arte que profesaba entregar podía aprenderse e practicarse con tódolos seus tecnicismos sen outra axuda cá que proporcionaba o poema. Pero se isto fose certo, moi lonxe de ser unha gabanza, tería degradado instantaneamente o poema do seu rango de obra entre os productos das Belas Artes; ipso facto, tal poema teríase asentado desde ese alto rango intelectual entre as innobres pretensións da arte mecánica, na que o metro e o estilo que introduce o metro, perderían inmediatamente a súa xustificación. A verdadeira idea da poesía didáctica é esta: ou o poeta selecciona unha arte que proporciona a ocasión para unha serie de exhibicións pintorescas (coma Virxilio, Dyer, etc.); e, neste caso, é verdade que deriva parte do seu poder da arte que entrega; non, sen embargo, do que é esencial á arte, senón dos seus accidentes e adxuncións. Ou fai isto, ou (como é o caso con Lord Roscommon, Pope etc.), lonxe de procurar no seu tema calquera parte do poder, busca nel só a resistencia coa que loita por medio do poder derivado do verso e dos artificios do estilo. A un caso ou outro desta alternativa son reducibles tódolos poemas didácticos; e permitindo as diferencias da retórica e a poesía, o mesmo ideal debe ter presidido a composición dos varios ensaios do século dezasete, dirixidos ós estudiantes; sentían que o tema era austero e sen atractivo, e case puramente erudito; era a ambición dos escritores, en consecuencia, mostrar que podían presentalo nunha forma graciosa; e que baixo o seu tratamento o tema podía volverse interesante para o lector, coma unha arena sobre a que a habilidade se podía exhibir, evitando ou evadindo dificultades, mesmo ó prezo de todo beneficio para o ansioso e serio discípulo. Spartam nactus es, era o seu motto, hanc exorna; e, coma Cicerón, na súa Idea dun Orador, en relación cos deberes prácticos; ou Lord Shaftesbury, en relación co coñecemento preciso da filosofía académica; tense que supor que fixeron deliberadamente unha selección das artes ou doutrinas diante deles, por mor dunha fermosa composición que debería preservar tódalas súas partes en harmonía, e só secundariamente (se dalgún xeito) que tivesen en consideración os intereses do estudiante. Por todos eles a invitación manifesta non era tanto Indocti discant coma Ament meminisse periti.

No noso propio país houbo numerosas "cartas", etc., sobre este interesante tema; pero ningunha que fixese presa na opinión pública, menos os dous traballos do Dr Watts, especialmente o que trata sobre a "Mellora da mente". Sendo o máis imbécil dos libros, ten que debe-lo seu éxito: 1. o celo sectario do seu partido en relixión -os seus compañeiros e seguidores–, 2. ó feito de que gañara para o seu autor, de dúas universidades escocesas, o máis alto grao que podían outorgar, 3. ó distinguido honor de ser adoptado como libro de texto (¿como libro de exame?) por dúas universidades inglesas, 4. á gabanza extravagante do Dr. Johnson, entre as debilidades do cal estaba a de gabar vivamente cando o adulaba o sentimento da súa gran superioridade en poderes e coñecemento. O Dr Johnson supón que o libro se modelou na Conducta do Entendemento de Locke; pero isto é de seguro tan ridículo como atribuírlle a Silence calquera imitación elaborada do Sr. Justice Shallow. Que Silence puidese tomar prestada de calquera outra persoa a metade dunha broma, ou facer eco do estrondo da súa risa, é posible; pero de calquera intento máis grave ou laborioso de roubo queda ridiculamente absolto pola exemplar imbecilidade da súa natureza. Non; o Dr. Watts non lle roubou cousa ó Sr. Locke; en materia de estupidez un home é facilmente orixinal; e supoño que mesmo a Feeble ou Shallow se lles puido da-lo cretoo de faceren o esforzo necesario nos seguintes consellos, collidos aleatoriamente do Dr. Watts na páxina onde o libro lle deu por abrir ó caer.

1. Consigue un coñecemento distinto e comprensivo do tema do que tratas; obsérvao dende tódolos lados, e faite perfecto señor del; logo (¡logo! ¿Qué logo? –Pense en Feeble facendo unha inferencia–. Bo, "logo") terás tódolos sentimentos que están relacionados con el á túa vista. 2. Está ben formado na lingua que falas. 3. Adquire unha variedade de palabras, unha copia verborum: Deixa que a túa memoria sexa rica en termos sinónimos (p. 228, ed. 1817).

¡Ben feito, magnanimísimo Feeble! Tales consellos supoño que calquera home os pode ter producido, e que non quererá velos criticados. Déixeme máis ben inquirir, qué defecto común é o que fixo os traballos de homes moito máis enxeñosos, e en particular o de Locke, completamente inútiles para o fin proposto. O erro nestes libros é o mesmo que aparece nos libros de ética, e que os fixo máis ou menos inútiles para calquera propósito práctico. Como é importante poñer fin a calquera engano en materias de interese tan grave e xeral como a mellora do noso entendemento, ou a avaliación moral das accións, e como repito que o engano aludido aquí afectou a ambos por igual (en tanto poden ser afectados polos libros profesamente escritos para asistilos), pode paga-la pena gastar unhas poucas liñas en expoñelo. Creo que está suficientemente familiarizado coa estructura dun siloxismo como para saber como distinguir entre a proposición maior e a menor; hai, de feito, unha regra técnica que fai imposible errar; pero non terá necesidade diso unha vez que aprenda o rationale dun siloxismo á luz baixo a que o vou colocar aquí. En cada siloxismo, unha das dúas premisas (a maior) establece unha regra baixo a cal a outra (a menor) trae o asunto do seu argumento como un caso particular. A menor distínguese da maior, en consecuencia, por un acto do xuízo, concretamente, una subsunción dun caso especial baixo unha regra. Considere agora cómo isto se aplica á moral: aquí a conciencia proporciona a regra xeral, ou proposición maior, e isto non se cuestiona; pero ó trae-lo caso especial de conducta, que é o tema da súa procura, baixo esta regra xeral, aquí empeza por primeira vez a dificultade, e xusto neste punto os tratados éticos están calados na súa maior parte. De acordo con isto, ningún home pensa en consultalos para a súa dirección baixo calqueras perplexidades morais; se nalgún caso os le é pola gratificación do seu entendemento en vixia-la orde e a relación entre os varios membros dun sistema; nunca pola información do seu xuízo moral.

Para calquera uso práctico nese sentido, unha casuística, é dicir, a subsunción dos casos máis frecuentemente recorrentes na vida común, debería combinarse co sistema de principios morais2 –este proporcionando a proposición maior (ou normal), a primeira proporcionando a proposición menor, que trae o caso especial baixo a regra–. Coa axuda desta explicación, comprenderá facilmente con base en qué principio me aventuro a denunciar como non aproveitables a enteira clase de libros escritos baixo o modelo da Conducta do Entendemento de Locke. De acordo con Locke, o estudiante non ten que apresurarse, pero tampouco lacazanear; non ser demasiado apurado, nin tampouco demasiado dubitativo; non ser demasiado confiado, pero moito menos demasiado desconfiado; non demasiado teimudo nas súas opinións, pero tampouco (por amor de Deus) demasiado resignado ás dos outros; non demasiado xeral nas súas divisións, pero (en canto considera a súa alma) non demasiado minucioso, etc.

Pero de seguro ningún home, inclinado sobre a mellora das súas facultades, foi nunca culpable deses erros baixo eses nomes, isto é, consciente e deliberadamente. E se o é, é que non reflexionou sobre o seu método, ou que téndoo feito, permitiuse en acto ou hábito ofender estes regulamentos cunha visión falsa da súa tendencia e carácter, porque, de feito, tendo adoptado como a súa regra (ou maior) ese medio de ouro que recomenda o Sr. Locke, e que, sen a suxestión do Sr. Locke, tería adoptado por si, foi sen embargo posible para el, por un xuízo erróneo, tomar un acto ou hábito baixo a regra, que con mellor consello tería excluído; o tal consello é exactamente o que o Sr. Locke non deu. Por encima e por riba de todo isto, o método do libro é aforístico; e, como se pode esperar dese método, sen plano; o que é en parte a causa e en parte a consecuencia de ter un plano sen fundamentos.

Esta palabra, fundamentos, lévame a unha observación suxerida pola súa carta; e con esta acabarei a miña. Cando eu falaba arriba de que o estudiante tiña que bota-los seus fundamentos anchos e fondos, tiña o meu ollo principalmente nas pedras angulares dun coñecemento fortemente construído, a saber, na lóxica; nunha adecuada selección de linguas; nunha parte específica do que se chama metafísica; e nas matemáticas. Agora vostede alega (supoño que con ocasión das miñas referencias ás matemáticas na miña última carta) que non ten "xenio" para as matemáticas; e fala co medo usual (pavor attonitorum) da suposta profundidade de intelecto necesaria para un gran progreso nesta dirección. Estea seguro de que está nun consumado erro, aínda que sexa un erro case universal. En matemáticas, baixo dous argumentos irresistibles que eu porei a clara luz, cando chego a explica-lo procedemento da mente con respecto a ese tipo de evidencia, e ese tipo de investigación, non pode haber sutileza; tódalas mentes están a nivel salvo na rapidez da carreira, e, da total ausencia de todos eses actos da mente que realmente implican profundidade de intelecto, pódese preguntar se non se pode facer dun idiota un excelente matemático. Non escoite as nocións románticas do mundo neste asunto; sobre todo non escoite ós matemáticos. Os matemáticos, coma matemáticos, non teñen nada que pintar neste asunto. Unha cousa é entende-las matemáticas; outra, e moi diferente, entende-la filosofía das matemáticas. Con respecto a isto é memorable que en ningunha das grandes cuestións filosóficas que o ascenso das matemáticas ten de cando en vez feito aflorar no horizonte da nosa visión especulativa tivo un matemático que fose simplemente tal (malia ser eminente) profundidade de intelecto adecuada para a súa solución, sen insistir nos absurdos que publicaron matemáticos sobre a filosofía do infinito, dende que esa noción se introduciu nas matemáticas, ou nos intentos sen froito dun case metafísico para soluciona-la loita entre os modos conflictivos de avaliar forzas vivas. Só necesito preguntar ¿que matemático inglés ou francés foi capaz de exhibi-la noción de cantidades negativas, nunha teoría que aturase aínda que fose unha filosofía popular, ou que conseguise calquera asentimento? Ou tamén, ¿que álxebra existe que non conteña unha explicación falsa e ridícula do procedemento nesa ciencia, cando é contrastado co procedemento en xeometría? Pero para non turbalo con máis destes casos tan oprobiosos para os matemáticos, poña isto no corazón; que as matemáticas son moi fáciles e moi importantes; son, de feito, o órgano dunha ampla división do coñecemento humano. E como é de importancia que vostede non perda tempo esperando pola miña carta sobre este asunto, déixeme anticiparlle o suficiente dela para aconsellarlle que empece inmediatamente con Euclides; lendo eses oito libros dos Elementos que se len normalmente, e os Datos. Se non fose máis adiante, esa xeometría sería útil e deleitable; e con só ler dúas horas ó día, completaríaa nunhas trece semanas, é dicir, un cuarto de ano.

____________

1 Non por causa de calquera excepción no seu favor da censura xeral pronunciada aquí sobre este corpo de ensaios, senón polo seu extraordinario tono de paixón e de frenética enerxía, e ás veces de nobre sentimento expresado elocuentemente, debo notar como con moito o máis memorable de estes ensaios do século XVII o de Joachim Forz Ringelberg, Sobre o Método de estudio (De Ratione Studii). É un deses libros que escribiu evidentisimamente non un simple tolo (como varios miles de libros), senón un tolo baixo o elevado paroxismo da súa enfermidade; e omitindo algúns casos de afectación e puerilidade, é profundamente conmovedor. Parece que o autor, malia non ter trinta anos de idade na data do libro, estaba aflixido polo mal de pedra –de forma incurable, de acordo coa súa crenza; e moito do libro foi escrito na escuridade (en taboíñas de cera, ou de madeira, cun stylus feito de ósos carbonizados), durante as insomnes noites de dor consecuentes á súa enfermidade. "Aetas abiit", di, "reditura nunquam –Ah!–. Nunquam reditura! Tametsi annum nunc solum .trigesimum ago, spem tamen ademit calculi morbus." E tamén: "Sic interim meditantem calculi premunt, ut gravi ipsa dolore moereat mens, et plerumque noctes abducat insomnes angor." É cara á fin onde relata as notables circunstancias baixo as que escribiu o libro. "Bonam partem libri huius in tenebris scripsi, quando somnus me ob calculi dolorem reliquerat; idque quum sol adversa nobis figeret vestigia, nocte vagante in medio coelo. Deerat lumen; verum tabules gabeo, quibus etim in tenibris autor". É singular que un libro tan interesante non fose, no meu coñecemento, comentado en ningures na literatura inglesa, agás, de feito, nunha leve e imprecisa maneira polo Dr Vicesimus Knox, nas súas Elucubracións de tardes de inverno.

2 De acordo con isto, o noso médico moral de moda para esta xeración, o Dr. Paisley, que prescribe para as conciencias de ámbalas universidades, e, de feito, dos propietarios máis respectables, ten introducido boa parte de casuística no seu traballo, aínda que non baixo tal nome. En Inglaterra hai unha aversión ó simple nome, fundada en parte nisto, que a casuística foi cultivada principalmente polos eclesiásticos católicos romanos, e con vistas de máis a unha moralidade indulxente e dispensatoria; e en parte na excesiva subdivisión e división de cabelos dos casos; que tende a causar un dano infinito á moral, por deixar perplexa e xogar coa conciencia, e por supoñer que a moralidade está por riba dos poderes de tódolos que non fosen as mentes máis sutís. Todo isto, sen embargo, non é senón o abuso da casuística; e sen casuística dun xeito ou dooutro, non se podería tomar ningunha decisión práctica nos accidentes da vida diaria. Disto, nunha ocasión máis adecuada, podería dar unha proba acumulativa. Polo momento, chega con observar que a lei, que a máis práctica de tódalas cousas é unha perpetua casuística; na que un uso inmemorial, unha decisión previa da corte, ou un estatuto positivo, proporciona a proposición maior; e o xuízo do xurado, iluminado polo coñecemento do tribunal, proporciona a proposición menor ou casuística.

.

CARTA III

 

Meu estimado señor: Nas miñas tres seguintes cartas hei considerar, 1º linguas, 2º Lóxica, Artes da Memoria; non como partes do coñecemento buscadas ou valoradas por elas mesmas, senón simplemente como os máis xerais de entre os medios e instrumentos do estudiante, estimados en consecuencia con referencia ó número e importancia dos fins que avanzan, e que se han de presupor xustamente en tódolos esquemas de desenvolvemento autónomo planeados liberalmente. Nesta carta falarei de linguas; téndome proporcionado os meus pensamentos e unha experiencia de vinte anos como estudiante algunhas pistas que poden ser útiles para determina-la súa elección, cando a elección é a primeira vista tan difícil, e os males dunha elección errónea tan grandes. Neste Babel de terra que vostede e mais eu habitamos, disque hai sobre tres mil linguas e dialectos. De case cinco centos atopará un espécime no Mithridates de Adelung, e nalgúns outros traballos alemáns de mediano vulto.1 Os propósitos finais desta vasta máquina para separar nacións non son difíciles de percibir en parte; e pódese presupor que eses propósitos foron case cumpridos; xa que pode haber pouca dúbida de que nos dous séculos seguintes tódalas linguas bárbaras da terra (isto é, aquelas sen literatura) serán unha tras outra estranguladas e exterminadas por catro linguas europeas, a saber, o inglés, o español, o portugués e o ruso. África Central, e só ela, pode resisti-lo ímpeto da civilización por un período máis longo. Agora ben, as linguas estúdianse ás veces, non como unha chave para tantos corpos de literatura, senón como un obxecto per se, por exemplo, por Sir William Jones, Dr. Leyden, etc.; e onde as investigacións son dirixidas co entusiasmo e a sagacidade do finado extraordinario Profesor de Linguas Orientais en Edimburgo, Dr. Alexander Murray, é imposible conte-la admiración dun; el tiña unha teoría e propósitos claros, que deitaban luz sobre os seus camiños que son doutro xeito "tan escuros coma o Erebo". Tales traballos dirixidos con tal espírito teñen que ser importantes; se os máis vellos testemuños da raza humana son importantes; xa que as afinidades da lingua proporcionan a clave principal para ascender, a través dos labirintos das nacións, ás súas primeiras orixes e conexións. Para un lingüista profeso, por tanto, o consello natural sería: examina a estructura de tantas linguas como sexa posible, reúne tantos miles de espécimes como sexa posible no teu hortus siccus, empezando polas formas máis vellas do teutónico, en concreto, o visigótico e o islandés, para o que as axudas prestadas polos estudios modernos son inmensas. Para un filólogo profeso, digo, o consello natural sería este. Pero para vostede, que non ten tales propósitos, e que penso que busca as linguas simplemente como avenidas para a literatura que non é accesible doutro xeito, direi francamente, empece por este principio: que o acto de aprender unha lingua é en si mesmo un mal; e forme a súa selección de linguas de tal xeito que o maior corpo de literatura dispoñible para os seus propósitos quede aberto para vostede ó menor prezo posible de tempo e enerxía mental desperdiciados nesta dirección. Digo isto con algunha seriedade. Porque non lle ocultarei que un dos hábitos máis desfavorables para o crecemento e a sincera cultura do intelecto nos nosos días é a facilidade coa que os homes se renden ó estéril labor sen xenio da aprendizaxe de linguas. Salvo se está equilibrada por estudios que dean máis exercicio, máis excitación e máis alimento ás facultades, estou convencido, por todo o que teño observado que esta práctica é a ferruxe seca da mente humana. ¿Como podería ser doutro xeito? O acto de aprender unha ciencia é bo, non só polo coñecemento que resulta, senón polo exercicio que o asiste; as enerxías que o estudiante se ve obrigado a despregar son verdadeiras enerxías intelectuais e os seus mesmos erros están cheos de instrucción. Non chega a construír unha idea guía, ou mesmo constrúea mal; colócase nunha falsa posición con respecto a algunhas proposicións; veas dende un centro falso; fai unha antítese falsa ou imperfecta; aprende unha definición con rigor insuficiente, ou falla no seu uso para mantela coherente. Estes e outros mil erros atopan mil recursos apropiados –todos de carácter verdadeiramente intelectual–; comparando, combinando, distinguindo, xeneralizando, subdividindo, actos de abstracción e evolución, de síntese e análise, ata que as mentes máis torpes son ventiladas, e sanamente excitadas por esta introversión das facultades nelas mesmas.

Pero no estudio da lingua (cunha excepción, sen embargo, ata certo punto, a favor do latín e do grego, que anotarei máis tarde), nada disto pode ter lugar, e por unha simple razón: que todo é arbitrario. Onde queira que hai unha lei e un sistema, onde queira que hai relación e correspondencia entre partes, o intelecto abrirase camiño, fundirá entre os secos ósos o sangue e os pulsos da vida, e creará "unha alma baixo as costelas da morte". Pero todo o que é arbitrario e convencional –que non dá ningunha razón para que iso sexa así e non doutra maneira, sen obedecer a lei nin teoría– debe, polas súas formas sen vida, matar e mortificar a acción do intelecto. Se isto é certo, convenlle a todo estudiante ter un ollo sobre si, para non permitirse, baixo unha lixeira tentación, un sobrepeso de estudio nesta dirección; porque as tentacións dun tal exceso, que nos nosos días son máis poderosas que antes, son en todo momento demasiado poderosas. De tódalas armas na armería do erudito, ningunha é máis fachendosa ou máis cativadora para as mentes comúns cá habilidade nas linguas. A vaidade é, pois, unha causa da aplicación indebida ás linguas. A segunda é a moda nacional. ¿Que nación senón nós fixo nunca da lingua do seu eterno inimigo unha parte esencial de mesmo unha educación decente?2 ¿Que deberíamos pensar da política romana, se durante a segunda guerra púnica, o cartaxinés se ensinase como materia de curso ós nenos de todo cidadán romano? Pero unha terceira causa, que creo que ten máis eficacia que calquera das anteriores, é a simple levidade –o sinxelo feito de non estar lastrado por un peso suficiente dun plano ou propósito asentado que presente un contrapeso ó menor empuxe nun sentido ou noutro que abrolle de calquera impulso accidental ou capricho persoal–. Cando non hai resistencia, un bafo de aire será suficiente para determina-la moción. Acórdame unha vez que, ocorréndome pasar un outono en Ilfracombe, na costa oeste de Devonshire, atopei a tódalas mozas que coñecía ocupadas laboriosamente no estudio da botánica marítima. Na costa oposta do canal, en tódolos portos do Sur de Gales, Tenby, etc., non estaban menos ocupados na concoloxía. En ningún dos casos era a causa dun amor previo pola ciencia, senón simplemente dispoñendo das súas vantaxes locais. Agora ben, aquí un home tiña que ser de moi mala natureza para rir; porque os estudios eran nos dous casos fermosos. Creouse un amor por iso, se non preexistía; e para as mulleres e as mozas, a mesma ausencia de toda austera unidade de propósito e autodeterminación sentáballes ben e enchíaas de gracia. Pero cando esta mesma levidade e capacidade para implicarse en impulsos casuais aparece nos actos e propósitos dun home, debo recoñecer que teño sido a miúdo incapaz de absterme de algo así como un sentimento de displicencia; nin tampouco desexaría reterme, senón para recordar cantos homes de mentes enérxicas dan constantemente paso a motivos leves e inadecuados, simplemente por falta de seren chamados a preocupadas revisións da súa propia conducta. ¿Cantos casos coñecín onde un estudio particular –como, supoñamos, o estudio da filosofía Hartleiana– foi proseguido ó longo dun college enteiro simplemente porque un home de talento falara del na junior common-room? ¿Cantos casos onde un libro se fixo popular porque o mencionaron na House of Commons? ¿Cantos onde un home resolveu estudiar galés porque estaba pasando un mes ou dous en Barnmouth? ¿Ou italiano porque atopara unha serie de poetas de Milán na biblioteca do seu tío? ¿Ou o violín porque comprara un bo nunha poxa?

En 1808-9 debe recordar ben qué forte impulso a apertura de guerra peninsular deu á nosa literatura do momento. As prensas de Londres e das provincias bulían con edicións de libros españois, diccionarios e gramáticas; e os movementos do exército inglés estaban acompañados por unha actividade correspondente entre os compositores británicos. Do xusto interese que se renova agora polos asuntos españois, supoño que recorrerá algo da mesma escena. Agora, pola miña parte, aínda que indubidablemente, estudiaría, por Calderón só (xulgando del por unha traducción alemana), coa mellor vontade a literatura española (se tivese tempo libre), aínda así estaría avergoñado de facelo baixo as chamadas irrelevantes e ocasionais dunha situación interesante nos asuntos españois. Sentiría que por un acto así confesaba unha falta de pre-ocupación na miña mente, unha falta de auto-orixinación nos meus planos, unha inercia de vontade, que, sobre tódalas cousas, detesto e debo detestar. Se fose correcto para min (correcto, quero dicir, en relación co meu previo esquema de estudio) ter dedicado unha porción do tempo da miña vida á literatura española, debería ter sido correcto antes de que a política española tomase un aspecto interesante. Se non fose correcto, non o sería baixo unha suxestión tan puramente verbal como a recorrencia da palabra español nos xornais de Londres.

Isto, estou seguro, vostede interpretarao candidamente. Non o supoño menos equipado con poder de autodeterminación ca min. Non teño alusión ou excepción persoal; pero supoño que todo home é susceptible de actuar en exceso ou por impulsos inadecuados en tanto non é posuído por un plano que poida dar firmeza a esa levidade de natureza que está implicada no simple estado de indiferencia para con calquera plano establecido. Esta levidade, nos nosos días, atopa un aliado accidental nas extraordinarias facilidades para estudiar linguas na forma de libros elementais; as cales facilidades por si mesmas forman unha cuarta causa do desproporcionado estudio dado ás linguas. Pero ocórreseme unha quinta causa, dun carácter menos egoísta e indolente cá precedente; e como me parece dificilmente posible que non o influenciase a vostede máis ou menos para face-la súa selección de linguas demasiado ampla ou comprensiva, contareille do meu propio caso, o que pode ser suficiente para poñelo en garda contra demasiada indulxencia cun sentimento en si mesmo xusto e natural. Nos meus días mozos nunca entrei nunha gran biblioteca, supoñamos de cen mil volumes, pero o meu sentimento predominante era de dor e desorde mental –non moi diferente do que lle sacou as bágoas a Xerxes, vendo o seu inmenso exército, e reflexionando que dentro de cen anos ningún quedaría vivo–. Para min, con respecto ós libros, a miña morte traería o mesmo efecto. Aquí, dicía eu, están cen mil libros, o peor dos cales é capaz de darme algún pracer e instrucción; e antes de que poida ter tempo para extrae-lo mel dun vinteavo dese favo, con toda verosimilitude chamaranme para ir. Este pensamento, estou seguro, debe térselle ocorrido a miúdo a vostede; e pode xulgar canto foi agravado cando atopei que, subtraendo tódolos libros profesionais –libros de referencia, como diccionarios etc., etc.. etc.– da biblioteca universal de Europa, aínda quedaría un total de non menos dun millón douscentos mil libros por riba do que as prensas de Europa están aínda desembocando no océano da literatura, moitos deles inmensos folios ou cuartos. Agora ben, un eminente autor inglés díxome que, con respecto a unha soa obra, en concreto, A Historia de Thuanus, un monxe portugués fixera un cálculo que amosaba que simplemente ler por riba as palabras (sen permitir tempo para a reflexión) requiría o traballo de tres anos á media de (creo) tres horas ó día. Ademais, eu comprobei por min mesmo que ler un volume duodécimo, en prosa, de catrocentas páxinas –tendo prohibido o salto e a lectura rápida que pertence ó vulgar interese dunha novela– era traballo moi suficiente para un día. En consecuencia, trescentos sesenta e cinco por ano –isto é (cunha moi pequena concesión para as demandas da vida na conta dun e dos amigos), mil por trienio; isto é, dez mil en trinta anos– será tanto como un home que vive só para iso pode esperar cumprir. Da idade de vinte a oitenta, en consecuencia –se un home fose tan desgraciado coma para vivir ata os oitenta– o máximo que podería esperar viaxar a través do mundo sería vinte mil volumes –un número non quizais superior ó cinco por cen do que a simple literatura actual de Europa acumularía nese período de anos–. Ben, desta cantidade de vinte mil faga unha deducción á conta de libros de tamaño máis grande, libros que hai que estudiar e libros que hai que ler de vagar e reler moitas veces (coma tódalas obras nas que a composición é parte principal das súas pretensións), permita un desconto considerable por estas deduccións, e os vinte mil encollerán facilmente a oito ou cinco mil. Non debe concibir todo este informe aritmético como en relación cun imaxinario estado de tristeza. Non, protéstolle que falo dun caso real de sufrimento se algún ten existido algunha vez. E aumentou de contado, porque o mesmo pánico fixo presa de min con respecto ás obras de arte. Deime conta de que non tiña a posibilidade de oír a vintecinco milésima parte da música que se producira. E así para outras artes. E iso non era todo; porque, ocorréndome dicir unha noite mentres entraba nunha longa rúa, "Nunca hei de ver a milésima parte da xente que está vivindo só nesta rúa", ocorréuseme que cada home e muller era un libro interesantísimo, se un sabía cómo lelos. Aquí abriuse ante min un novo mundo de miseria; porque se os libros e as obras de arte existían por millóns, os homes existían por centenas de millóns. Aínda máis, mesmo se fose posible para min coñecer a toda a miña xeración, aínda así, coma o Dr. Fausto, que desexaba ver a "Helena de Grecia", aínda estaría insatisfeito; porque ¿que era unha xeración con respecto a tódalas pasadas? Aínda máis, a miña tolemia colleu voo máis alto; porque consideraba que estaba nun pequeno istmo de tempo, que conectaba os dous grandes mundos, o pasado e o futuro. Eu estaba en relación igual cos dous; pedía admisión tanto a un coma ó outro. Mesmo se un nigromante puidese trae-los grandes homes do século dezasete, eu tería dito, ¿que ben me fai todo isto? ¿Onde están os do século vinte? ¡E así seguido! En breve, nunca cambiei os meus pensamentos nesta dirección, senón que caín nunha completa tolemia de verán.. Non podía aproveita-lo que tiña –ansiando o que non tiña e non podía ter–; estaba sedento, coma Tántalo, no medio das augas; mesmo cando usaba a miña saúde presente, só pensaba no seu carácter perecedoiro; e "choraba por te-lo que tanto temía perder".

Mais todo isto, dirá vostede, era, pola miña propia admisión, "tolemia". Tolemia, concédoo; pero ¡que tolemia! Non coma a que sofren os lunáticos; non unha alucinación do cerebro; senón unha tolemia coma a dos avaros –a usurpación e o despotismo dun sentimento, natural en si mesmo, pero viaxando cara a un exceso que á fin desbaratou todo o que debería ter equilibrado–. E teño que afirmar que, con concesións para os diferentes graos, non hai tolemia máis común. Moitos dos que se dedican ó estudio das linguas fano baixo a mesma enfermidade que describín. E se non a levan ata o mesmo extremo de desgracia é porque non son tan lóxicos e tan consistentes na súa tolemia coma o eu era. Baixo a nosa actual enorme acumulación de libros, afirmo que unha triste distracción na elección (que é o xerme de tal tolemia) ten que ser un incidente moi xeral nestes tempos; que os síntomas del son, de feito, moi prevalentes; e que un dos principais síntomas é unha enorme "glotonería" polos libros, e por engadir lingua a lingua; e deste xeito é como a literatura se volve unha fonte de tormento moito máis que de pracer. Aínda máis, irei máis adiante e direi que, dos moitos que escapan desta enfermidade, algúns deben o seu privilexio simplemente á estreiteza das súas mentes, e ó contraído ámbito das súas simpatías coa literatura, que, aumentadas, logo habían perder. Outros, ademais, débena á súa situación; como, por exemplo, unha vila do campo, onde, os libros sendo poucos, un home pode esgotar tódolos seus materiais, o seu apetito non é saciado e queda agradecido polo préstamo dun manuscrito, etc. Pero tráiao a Londres e amóselle as cargas de vagón de almacéns sen usar nos que ten a liberdade de traballar, dígalle que estes non son máis que unha nimiedade, quizás, con respecto ó que pode atopar nas bibliotecas de París, Dresde, Milán, etc., de casas relixiosas, de nobres ingleses, etc., e a ese mesmo home que chegou a Londres despreocupado e feliz deixarao pálido e triste. Vostede arruinou a súa paz de espírito. Un tema que pensaba que era capaz de esgotar atopa que é un traballo de séculos. Xa non ten o san pracer de sentirse señor dos seus materiais; degrádase a se-lo seu escravo. Quizás me deteño demasiado neste asunto; pero permítame, antes de deixalo, ilustra-lo que dixen co caso de dous eminentes homes de letras, que se exhiben neste momento como figurantes (se podo dicilo deste xeito) na escena de Europa, e que sacrificaron a súa propia felicidade e dignidade de espírito á verdadeira tolemia que veño describindo; ou, se non, á moito máis egoísta paixón pola notoriedade e a exhibición ostentosa. Os homes ós que me refiro son F. Bouterwerk e Frederick Schlegel, máis coñecido polo público inglés como o amigo de Mme. de Staël.

A historia do primeiro é algo ridícula. Aparecendo en escena nun tempo en que Kant posuía o espírito nacional de Alemaña, pensou que sería unha boa especulación non caer no tren dun filósofo, senón abrir unha especie de capela de disensión. Non viu razón pola que a xente non debese xurar por Bouterwerk o mesmo que por Kant; e conectando este feito coa subsecuente confesión de Bouterwerk de que realmente estaba xogando unha broma consciente, provoca a risa mencionar que durante un tempo atopou absolutamente algúns seguidores –que o adoraron, pero de forma suspicaz e temporal–. Desafortunadamente, sen embargo, como non tiña tempo ou capacidade para entender a Kant, viuse obrigado a adopta-lo plano do Dr. Priestley de revocar e cancelar en cada traballo sucesivo tódolos seus traballos precedentes, como falsos, pestilentes e heréticos. Isto enfadouno. O filósofo foi apartado do sacerdocio, e nesta liña de negocios atopouse en bancarrota. Nesta crise, as cousas tiñan mal aspecto. Sen embargo, sendo mozo, alegou a tenrura dos seus anos. George Barnwell e outros tamén se arruinaran coma el, por andar en malas compañas: entonces xa abandonara toda conexión coa metafísica; e solicitou informar ó público que abrira unha empresa completamente nova para a crítica en tódalas súas ramas. Mantivo a súa palabra; deixouse de bromas e aplicouse a unha liña de negocios respectable.

Os froitos dos seus traballos foron unha historia, en doce volumes, da literatura moderna desde a fin do século trece. Deste traballo examinei todo o que pretendo xulgar, en concreto, as dúas seccións relativas á literatura alemana e inglesa; e, para non facerlle inxustiza, se profesase ser non máis que unha memoria bibliográfica de libros, executouna cunha loable atención e fidelidade. Pero imaxínese o vasto compás do seu plano. Profesa da-la historia da literatura 1. Española, 2. Portuguesa, 3. Inglesa, 4. Alemana, 5. Francesa, 6. Italiana; non un esbozo, observe, nin un resumo delas, senón unha historia completa e formal. Conciba, se pode, as monstruosas e demenciais pretensións implicadas en tal esquema. Para empezar, tiña que aprender cinco linguas, ademais dos seus dialectos; non só iso, senón cinco linguas, cada unha a través de tódalas súas variedades polo espacio de medio milenio: o inglés, por exemplo, non só de hoxe, senón o de Chaucer, o dos Romances Métricos, aínda máis, o de Robert de Gloucester, en 1280. Ademais, os simples libros impresos (para non dicir nada dos manuscritos) en calquera desas linguas, para lelos e meditalos, como ten que facer un historiador da literatura, daríanlle emprego completo a doce homes dotados ó longo de toda unha vida. E despois de todo, cando os materiais estivesen listos, aínda estaría por empeza-lo traballo da composición. Tales eran as pretensións de Bouterwerk. En canto ás de Schlegel, –quen, sen moito máis xenio ou orixinalidade, ten moito máis talento–, as súas eran aínda máis extravagantes, e foron empuxadas a un extremo que debe, creo, inquietar ós seus admiradores co sentimento de que non todo é sólido. Porque, aínda que non profesou entrar en tanto detalle como Bouterwerk, aínda así, os seus resumos introductorios represéntanse como construídos en tantas lecturas, aínda que non citadas directamente, e a todo o que Bouterwerk sostiña nas súas promesas, Schlegel engadiu, como un pequeno bono para os seus subscritores, 1. Literatura oriental; 2. Literatura Escandinava; 3. Literatura provenzal, e, polo que eu sei, mil millóns de cousas máis; para non dicir nada dunha participación activa na literatura actual, como comentador, columnista e autor de todo tipo de obras. Agora ben, a simple historia destas pretensións expón a súa vacuidade: enumeralas é refutalas. Sabendo, como todos sabemos, cantos anos require, e mediante qué ociosa e xenial comunicación coas súas obras é que podemos gañar unha intimidade profunda mesmo cuns poucos grandes artistas, como Shakespeare, Milton ou Eurípides, ¡que ficción tan monstruosa forzaría na nosa credulidade o home que nos conta que leu e pesou na balanza os productos totais do intelecto humano dispersos por trinta linguas durante un período de tres mil anos; e qué enorme engano practica no seu propio espírito o que se pode persuadir de que está lendo para encherse de verbas ó significado das que a penas pode ter tempo de botarlle unha ollada, coma ás lámpadas dun coche de correos, no seu apresurado e alterado entendemento! Hai unha pintura en Oxford, que vin cando neno, dun vello, coa tristeza no seu ollo, no acto de copiar un libro; e a lenda anexa (esquezo se con algún fundamento histórico) era que fixera voto de copiar unha gran parte da Biblia antes de permitirse (ou de que lle permitisen) comer. Atrévome a dicir que coñece a pintura; e quizás conto mal a historia. Sen embargo, xusto un home así, e xustamente tan angustiado, debe aparecer este home de palabras cando está só no seu estudio; cun corazón xeado e un intelecto esfameado; e de vez en cando, quizás exclamando con Alcibíades, "¡Oh, vós, atenienses! ¡Que mundo de durezas soporto para obte-lo voso aplauso!" Tan levemente se traballou o seu coñecemento na textura da súa mente, que estou convencido de que unha febre cerebral o varrería. Con este esbozo dos Sres. Bouterwerk e Schlegel, é superfluo engadir que as súas críticas non teñen ningún valor en absoluto; sendo todas palabras-palabras-palabras: sen embargo, con esta diferencia, que as de Bouterwerk son simplemente = 0, sendo as simples varreduras do lixo de obras de homiños de letras dende hai tempo defuntos: pero as de Schlegel, en concordancia coa súa natural altivez e os seus talentos superiores, son malas nun senso positivo –xa que están cheas de tales enganos, fantasías, e ficcións coma os que vostede podería naturalmente esperar dun home intelixente que falase do que nunca, en ningún sentido verdadeiro da palabra, lira–3. O xenio do sentido común inglés garda a tódolos meus fillos de sacrificar nunca a súa paz e saúde intelectual a tal vida de baleiro fachendoso, de pretensión, de ruído, e de palabras; e mesmo cunha vista da opinión dos outros, se pagase a pena de sacrificar moito a iso, amósalle canto máis envexable é a reputación de ter producido mesmo unha obra, aínda que sexa nun departamento baixo da arte, e que deu pracer a miríades (como, supoñamos, The Vicar of Wakefield) que ter vivido na admiración dunha morea observadora, coma un saltimbanqui, ou un faquir, coa fama de incribles consecucións que non levan ó pracer de ninguén, e que perecen nas lembranzas de tódolos homes tan pronto como o seu posuidor está na tumba.

Deste xeito, con algún risco de fatigalo, intentei aguza-la súa atención ata o perigo extremo que ameaza a un autodidacta nas perentorias tentacións dun excesivo cultivo das linguas; tentacións que, xa apelen á súa vaidade e amor pola ostentación, xa á súa sede por un dominio heteróclito dos libros; terminan no mesmo mal de substituír por un estéril estudio das palabras, que é, ademais, o máis prolongado de tódolos estudios, os sans exercicios do intelecto. Tódolos grandes poetas, oradores e enxeños europeos menciónanse tantas veces ó oído dun home, e hai de seguido tanta discusión sobre os seus méritos comparativos, que se reúne arredor dos seus nomes un corpo de irritación e curiosidade, e únese con sentimentos máis lexítimos para persuadir a un home de que é necesario que os lea a todos –cada un na súa propia lingua–. Nunha celebrada sátira (As prosecucións da Literatura), moi lida na miña xuventude, e que eu mesmo lin hai vintecinco anos, recordo un consello –alí dirixido ós mozos, pero, de feito, de aplicación universal–. "Apéloos", dicía o autor, "a atreverse a ser ignorantes en moitas cousas": un sabio consello, e expresado con xusteza, porque require moita coraxe abandonar camiños populares de coñecemento, simplemente coa convicción de que non son favorables ós fins últimos do coñecemento. En vostede, sen embargo, esa clase de coraxe pódese supoñer; pero ¿como "se atreverá a ser ignorante" de tantas cousas en oposición ás ansias da súa propia mente? Simplemente así: destrúa esas falsas ansias introducindo un estado máis san do seu órgano. Un bo esquema de estudio amosarase pronto tal por esta proba –que excluirá tan poderosamente como aprehenderá–; será un sistema de repulsión non menos que de atracción; unha vez completamente posuído e ocupado polos profundos e xeniais praceres dunha prosecución verdadeiramente intelectual, estará a xeito e indiferente a tódalas outras que o molestaran previamente con excitación pasaxeira; o mesmo que vostede verá ás veces un home irritado superficialmente, coma se fose, con errantes impulsos de interese por tres ou catro mulleres á vez, o que absurdamente chama "estar namorado"; pero, unha vez profundamente namorado (supoñendo que sexa capaz), nunca volve cometer esa mesma falta, pois tódolos seus sentimentos despois disto foron absorbidos nunha sublime unidade. Ben, sen anticipar este esquema de estudio fóra do seu lugar, aínda así en xeral vostede coñece se as súas intencións escoran máis cara á ciencia ou cara á literatura. Porque sobre esta decisión xiran tódolos motivos que poden determina-la súa elección de linguas; como, por exemplo, se vostede está á procura de ciencia ou filosofía, ningunha lingua en Europa neste día (salvo o turco) está tan lanzalmente provida coma o español; por outra banda, para a literatura, estou disposto á crer que despois do inglés ningunha é tan rica (quero dicir en calidade, non en cantidade).

Aquí, sen embargo, para previr calquera erro, déixeme establecer unha distinción necesaria. A palabra literatura é unha fonte de confusión perpetua, porque se usa en dous sentidos, e estes sentidos son susceptibles de ser confundidos un co outro. Nun uso filosófico da palabra, literatura é a antítese directa e adecuada de libros de coñecemento. Pero nun uso popular, é un simple termo de conveniencia para expresar inclusivamente a totalidade dos libros dunha lingua. Neste derradeiro sentido, un diccionario, unha gramática, un libro de pronunciación, un almanaque, unha farmacopea, un informe parlamentario, un sistema de ferrería, un tratado de billar, o calendario da Corte, etc., pertencen á literatura. Pero, no sentido filosófico, non só sería ridículo considerar estas coma partes da literatura senón que mesmo libros de pretensións moito maiores se deben excluír: como, por exemplo, os libros de viaxes, e xeralmente tódolos libros nos que o asunto que se ha de comunicar é máis alto có xeito ou forma da súa comunicación ("ornari res ipsa negat, contenta doceri"). É difícil construí-la idea de "Literatura" con severa precisión, xa que é unha bela arte –a suprema bela arte–, vinculable ás dificultades que tocan a tan sutil noción; de feito, unha severa construcción da idea debe se-lo resultado dunha investigación filosófica sobre este asunto, e non pode precedela. Pero co gallo de obter algunha expresión para a literatura que poida responder ó noso presente propósito, lancémo-la pregunta con outra forma. Dixen que a antítese de literatura é libros de coñecemento. Agora ben, ¿cal é esa antítese de coñecemento, que está aquí implicitamente latente na palabra literatura? A antítese vulgar é pracer ("aut prodesse volunt, aut delectare poetae"). Os libros, dinnos, propóñense ou instruír ou divertir. ¡De verdade! Sen embargo, para non gastar verbas nisto, supoño que vostede admitirá que esta desgraciada antítese non nos será de ningún servicio. E, por certo, déixeme facerlle notar, neste, coma noutros casos, cómo os homes polos seus propios erros de comprensión, por pensamento débil, e distincións inadecuadas, forxan cadeas de mesquindade e servidume para eles mesmos. Porque, unha vez admitida esta miserable alternativa, observe o que se segue. ¿En que clase de libros está o Paradise Lost? ¿Entre os que instrúen ou os que divirten? Ben, se un home responde entre os que instrúen, mente; porque non hai instrucción nel, nin podería haber en ningún gran poema, de acordo co significado que a palabra ten que soportar nesta distinción, salvo se se quere dicir que debería implica-la súa antítese. Pero se di, "Non, entre os que divirten" entón qué besta ten que ser para degradar, e deste xeito, a quen fixo o máximo que calquera obra humana pode facer para erguer e dignifica-la natureza humana. Pero a verdade é, xa ve, que o idiota non quere degradala; polo contrario, de boa gana contaría unha mentira no seu favor, se se admitise isto; pero tal é o miserable estado de escravitude ó que se reduciu el mesmo pola súa propia penosa distinción; porque tan pronto como sae dunha das súas pequenas celas, está na necesidade de saltar na outra. A verdadeira antítese4 do coñecemento, neste caso, non é pracer, senón poder. Todo o que é literatura busca comunicar poder; todo o que non é literatura, comunicar coñecemento. Agora ben, se se pregunta qué quere dicir comunicar poder, eu, á miña vez, preguntaría ¿con que nome designaría un home o caso de que me fixesen sentir vividamente, e cunha conciencia vital, emocións que a vida normal raramente ou nunca probe ocasión para excitar, e que previamente permaneceran sen espertar, e a penas dentro da alba da consciencia, como miríades de modos de sentimento están neste momento en toda mente humana por falta dun poeta para organizalos? Eu digo, cando estas formas inertes e adurmiñadas se organizan, cando estas posibilidades se actualizan, ¿é esta posesión miña consciente e viva poder ou que é?

Cando, no Rei Lear, a altura, a profundidade, e a amplitude da paixón humana se nos revela, e, para os propósitos dun sublime antagonismo, é revelada na febleza da natureza dun home vello, e nunha noite dous mundos de treboada se traen cara a cara –o mundo humano, e o mundo da natureza física– espellos o un do outro, antífonas semicorais, estrofa e antístrofa convulsas con espasmos rivais, e coa dobre escuridade da noite e a tolemia, cando estou deste xeito sobresaltado de súpeto ó sentimento do infinito do mundo que hai dentro de min, ¿é isto poder ou como podo chamalo? O espacio, por outro lado, ¿que é na mente da maioría dos homes? A forma inerte do mundo fóra de nós, un postulado dos xeómetras con non máis vitalidade ou existencia real para os seus sentimentos cá raíz cadrada de dous. Pero, se Milton foi capaz de informar este teatro baleiro poboándoo con sombras titánicas, formas que sentaban coma os vellos conselleiros do infante mundo, caos e noite orixinal,

 

"Ghostly shapes,

To meet at noontide, Fear and trembling Hope,

Death the Skeleton,

And Time the Shadow,"

de tal xeito que, de ser algo para inscribir con diagramas, fíxose baixo as súas mans un axente vital na mente humana –supoño que podo expresar con xusteza a tendencia do Paradise Lost, dicindo que comunica poder–; unha pretensión moi por riba de toda comunicación de coñecemento. No sucesivo, en consecuencia, usarei a antítese poder e coñecemento como a expresión máis filosófica para a literatura (isto é, Literae Humaniores) e anti-literatura (isto é, Literae didacticae –Paideia).

Pois ben, preparado con esta distinción, inquiramos se –sopesando as dificultades contra os beneficios– hai un sobrepeso de motivos para que vostede, cos seus propósitos estudie as inapropiadamente denominadas linguas "clásicas"5. E primeiro con respecto ó grego, xa debatémo-la cuestión a miúdo, e nos nosos días xa se rexeitaron solemnes cambios e se deron solemnes resolucións sobre a cuestión de se se pode derivar do estudio dos antigos clásicos algún beneficio que estea en correspondencia co tempo e traballo empregados neles. Ata agora, sen embargo, non se lle podía dar forma á cuestión correctamente, xa que, como ningún home elixira alegar "divertimento" como un motivo suficiente para unha empresa tan grande, sempre se debatera con única referencia ó coñecemento implicado nesas literaturas. Pero este é un fundamento completamente insostible. Porque, sexa o coñecemento o que sexa, todo coñecemento é traducible; e traducible sen un átomo de perda. Se isto fose todo, en consecuencia, o sentido común prescribiría que habería que facer traduccións fieis de tódolos clásicos, e tódolos homes no futuro dependerían deses labores vicarios. Con respecto ó grego, isto faríase rápido; xa que ¿que é o coñecemento que late nesa lingua? Todo coñecemento pode ser espaciadamente distribuído en ciencia e erudición; da última (antigüidades, xeografía, filoloxía, teoloxía, etc.) hai un corpus considerable; da primeira, só pouco, a saber, os traballos matemáticos e musicais, e os traballos médicos. ¿Que máis? Nada que poida merece-lo nome de ciencia, salvo o único órganon de Aristóteles. Na medicina grega supoño que non ten vostede ningún interese. En canto ás matemáticas, un home tería que ser idiota se fose estudiar grego por causa de Arquímedes, Apolonio ou Diofanto. En latín ou en francés vostede pode atopalos a todos traducidos regularmente, e partes deles incorporadas nos traballos de matemáticos ingleses. Ademais, se fose doutro xeito, onde as nocións e tódalas relacións son tan poucas, elementais e determinadas, e o vocabulario en consecuencia tan escaso, coma nas matemáticas, non sería necesario aprender grego, mesmo se estivese vostede disposto a le-los matemáticos nesta lingua. Eu non vexo ningunha marabilla en que Halley traducise un manuscrito árabe sobre matemáticas sen ningún coñecemento previo do árabe; polo contrario, é un caso (e un caso non moi difícil) da arte de descifrar, tan practicado por Wallis e outros grandes matemáticos contemporáneos de Halley. Pero todo isto é unha discusión ociosa; porque o coñecemento de calquera tipo que xace en minas gregas, aínda que esteamos tan pobremente providos de traduccións vernáculas, a versión latina servirá sempre. Este, en consecuencia, non é o fundamento que ha de toma-lo avogado das letras gregas. Non é por coñecemento polo que paga a pena aprender grego, senón por poder. Aquí xorde a cuestión. ¿De qué vale este poder? Isto é, ¿como se ten que clasifica-la literatura grega en relación con outras literaturas? Agora ben, non é só porque "De Carthagine satius est silere quam parcius dicere", senón tamén porque ó meu xuízo non hai forma máis ofensiva de levidade cá presteza en falar de grandes problemas, de forma incidental e ocasional, que declinarei completamente esta cuestión. Ata o de agora non vimos unha crítica racional sobre a literatura grega; nin de feito moita crítica que ensine algo, ou resolva algo sobre calquera literatura. Simplemente, suxerireille unha consideración a vostede. A cuestión limítase en total, como pode ver, ó valor da literatura no sentido propio da palabra. Agora ben, é a miña teoría privada –á que lle concederá o grado de peso que a vostede lle praza– que a literatura antiga ou pagá é unha antagonista polar da moderna literatura cristiá; que cada unha é unha evolución desde un principio distinto, e non teñen nada en común senón o que é necesariamente común a tódolos modos de pensamento, a saber, sentido común e lóxica; e que se teñen que criticar dende diferentes situacións e puntos de vista. Este mesmo pensamento ténselle ocorrido a outros; pero nunca se fixo ningún grande avance propoñendo a tese xeral; e ata o de agora ninguén fixo máis6. É só polo desenvolvemento desta tese que calquera servicio real pode levarse a cabo. Eu intentei isto, nunha serie de "reveries" sobre ese tema; e se continúa a dubidar sobre a cuestión de aprender grego agora que xa sabe exactamente cal é a forma desta cuestión, e a qué apunta, o meu manuscrito contén toda a axuda que está no meu poder ofrecerlle en tal dilema. A diferencia da literatura antiga coa cristiá, debe telo en mente, non é coma a da inglesa coa española –especie e especie- senón entre xénero e xénero. As vantaxes, en consecuencia, son: 1, o poder que ofrece xeralmente coma literatura; 2, as novas fases baixo as que presenta a mente humana; a antiga é o outro hemisferio, coma se fose, que, co seu propio hemisferio cristián, compón a enteira esfera da enerxía intelectual humana.

Baste para o grego. Agora ben, para o latín, o caso vira completamente. Aquí a literatura é de moita menos valor; e, en total, coas súas vistas, pódese dubidar se recompensaría as súas penas. Pero a antiliteratura (como por falta dunha estricta antítese teño que chamarlle) é inestimable; por ter sido o latín a lingua universal da cristiandade durante tan longo período. Os traballos de latín desde a restauración das letras son por si sos de inmenso valor para o coñecemento de calquera tipo; moita ciencia, inesgotable erudición; e ata este día en Alemaña, e en calquera outro lugar do continente, a mellor parte da última comunícase en latín. Agora ben, aínda que todo coñecemento é (o que o poder non é) adecuadamente comunicable por traducción, con todo, como non hai esperanza de que a inmensa biblioteca de latín acumulada nas últimas tres centurias sexa nunca traducida, non é posible que se dispense desta lingua; e sendo isto así, é afortunado que vostede teña xa unha familiaridade superficial con ela. Os mellores medios de cultivala máis adiante, e os fundamentos da selección entre as linguas modernas da Cristiandade discutireinos completamente na miña próxima carta.

________________

1 Especialmente un, o título do cal non me acorda, de Vater, o editor e compilador do Mithridates, trala morte de Adelung. Por certo, por causa do simple lector inglés, pode ser bo mencionar que o Mithridates chámase así cunha alusión ó gran rei dese nome contemporáneo de Sylla, Lucullus etc., do cal a tradición era que, nun exército inmenso e políglota, composto por unha gran variedade de nacións, podía falarlle a cada soldado na súa propia lingua.

2 Vexa os anuncios das escolas máis humildes; nos que, por moi baixo que se fixe o prezo da titoría, etc., o francés nunca falla para entrar como rama principal do curso do estudio. Ó cal feito podo engadir, que mesmo hai doce ou quince anos teño visto bibliotecas francesas circulando en Londres mantidas principalmente por xente de rango humilde.

3 Os exemplos máis falsos de Schlegel de alegada familiaridade con temas dos que é necesariamente ignorante son as numerosas pasaxes nas que fala de filósofos, especialmente de Spinoza, Leibnitz e Kant. En tales casos as súas oracións son sempre construídas dun xeito máis artificial e xesuítico, para darlle o aire de estar ben ó seu xeito dun lado, e sen embargo, do outro, para evitar comprometerse por un descenso excesivo a asuntos particulares. Tan perigoso, non obstante, é para o home máis hábil intentar falar do que non entende, que como un mariñeiro detectaría a un home de terra, malia ser experto no uso da dicción náutica, antes de que acabase dúas oracións, así, con toda a súa arte e fineza, e falando á parte de cuestións da súa propia elección, aínda así, Schlegel non pode escapar á detección en ningún caso no que intentou facer de filósofo. Mesmo se a cousa dita non é obxectable en si mesma, xeralmente detéctase como a nota dun novicio, por dirixirse a algo extra-esencial á filosofía, e que un verdadeiro xuíz tería pasado por alto coma impertinente para o asunto real do sistema. Das ridículas meteduras de pata que abrollan inevitablemente en Bouterwerk e Schlegel, da lectura apresurada, ou de ningunha lectura, anotei algúns exemplos curiosos no meu libro de peto; pero como non o teño aquí, mencionarei dúas de memoria. Bouterwerk e Schlegel ofenderíanse moito os dous, supoño, se fose dubidar de que leran algunha vez o Paradise Lost "¡Oh calumnia, vil calumnia! ¡Nós que fixemos tan boas críticas sobre el, non telo lido!" Si, pero dáse tal caso in rerum natura de criticar unha obra que o crítico nin sequera viu. Agora ben, que Bouterwerk non lese o Paradise Lost, créoo probable por isto: Bodmer, durante parte da primeira metade deste século, como saben os estudiantes de literatura alemana, estaba á cabeza dun partido que sostiña a literatura inglesa contra o partido francés do vello imbécil Gottsched Dalgún traballo de Bodmer, Bouterwerk cita con loanza unha pasaxe que, por estar en simple prosa alemana, supón que é de Bodner, pero que, desafortunadamente, resulta ser unha pasaxe do Paradise Lost, é unha pasaxe tan memorable que ninguén que a lese unha vez podería deixar de recoñecela. Isto no que respecta a Bouterwerk. En canto a Schlegel, as presuncións respecto a el repousan nisto: está dando clase sobre Milton nun estilo de alto profesor pola súa elección do tema: "Milton", di "non consideraba que a caída do home fose senón unha acción incoada, unha parte dun sistema, do cal a restauración do home é outra parte igualmente esencial. A acción do Paradise Lost é, en consecuencia, esencialmente imperfecta." (Citando de memoria, e dunha memoria vella dalgúns anos, non pretendo da-las verbas, pero este é o sentido.) Ben, pace tanti viri, Milton considerou isto, e proveu isto cun magnífico expediente, que un home que tivese lido Paradise Lost sería probable que recordase, en concreto, pola Visión combinada coa Narrativa do Arcanxo, na que a súa Restauración final faise coñecer a Adán; sen o cal, de feito, para non dicir nada da obxección do Sr Schlegel, o poema non podería ter pechado con ese repouso necesario como a impresión final de toda grande obra de arte.

4 Por esta distinción, como pola maioría da sólida crítica de poesía, ou calquera asunto relacionado con ela co que tiven relación, debo recoñece-las miñas obrigas coa conversa de moitos anos de có Sr. Wordsworth. Aproveitando esta ocasión, pode ser útil notar que hai un uso retórico da palabra "poder", moi diferente do analítico introducido aquí, que, tamén se debe orixinariamente ó Sr. Wordsworth, e non se atopará en ningún libro antes de 1798; agora fíxose un termo regular da xerga da conversación en Londres. En referencia ó cal, paga a pena notar que un crítico, falando do finado Mr. Shelley, hai un ou dous anos, no diario máis popular do día, dixo, "alégase que hai poder na poesía de Mr. Shelley; agora ben, non pode haber poder amosado en poesía, salvo escribindo bos poemas" (ou verbas a tal efecto). Apartando, sen embargo, a cuestión dos méritos de Mr. Shelley, esta anotación está tan lonxe de ser certa, que a palabra foi orixinariamente introducida para prover expresamente polo caso no que, aínda que o poema non fose bo por defecto de composición, ou por outras causas, a stamina e matériel da boa poesía como o alto pensamento e as concepcións apaixonadas, non se pode negar que existan.

5 Nos últimos tempos un escritor anunciou como cousa de descubrimento, que o termo "clásicas" é tamén aplicable ás linguas modernas. Pero de seguro ningún home que considerase o significado e a orixe do termo dubidou nunca disto. Ven, como se debe recordar ó lector, da economía política de Roma. Situábase a tal home segundo a súa renda na terceira clase, a tal outro na cuarta, e así de seguido; pero o que estaba na máis alta dicíase enfaticamente que era da clase, "classicus", un home de clase, sen engadi-lo número, coma se en tal caso fose superfluo. De aí, por unha obvia analoxía, os mellores autores considerábanse classici, ou homes da máis alta clase; así como dicimos en inglés, "homes de rango", en absoluto, para os homes que están nos rangos máis altos do Estado. O erro particular polo que este ¡simple termo formal de relación era materizado (se podo dicilo así) nun dos seus accidentes (a saber, a aplicación ós escritores gregos e romanos), é un dos máis comúns e naturais.

6 Nin espero moito que fará máis: a cal opinión baseo na fórmula particular elixida para expresa-la oposición da literatura antiga e a cristiá, a saber, a clásica e a romántica. Isto paréceme unha concepción completamente inadecuada do verdadeiro principio no que descansa a distinción; naturalmente non espero máis desenvolvementos da tese desde ese lugar.

 

 

CARTA IV

Meu estimado señor: É a miña desgracia ter estado demasiado a miúdo baixo a necesidade de escribir rapidamente e sen oportunidades para unha revisión posterior. Nos casos nos que se necesita moita composición1, esta é unha seria desgracia, e ás veces irreparable, salvo ó prezo de reformular todo o traballo. Pero, para un asunto como é o presente, pouco do que se chama propiamente composición é aplicable; e algo menos pola forma indeterminada de cartas na que introducín a propósito as miñas comunicacións. Erros na composición á parte, non pode haber outros de importancia, salvo os relativos ó asunto; e aqueles non son en absoluto os que inciden máis nun home porque está apresurado. Non estar demasiado ocioso é, de feito, a miúdo unha vantaxe. En ningunha ocasión das súas vidas falan mellor os homes en xeral que no cadafalso, e co executor ó seu carón; parte, ben é certo, porque entón están moi en serio, e despreocupados en canto ó efecto; pero parte tamén, porque a presión do tempo agudiza e condensa a facultade de abstrae-los puntos capitais en xogo. Neste sentido, non alego a présa como unha desvantaxe absoluta e inmitigada. A présa palia o que a présa ocasiona. Agora ben, non hai présa que poida ocasionar descoidos, relativos ó asunto, para quen ten meditado suficientemente sobre o seu asunto; todo o que a présa pode facer en tal caso é afectar á lingua con respecto á súa adecuación e precisión; e ata tanto alégoa. Non a alegarei nunca para encollerme da máis severa responsabilidade polos pensamentos e substancia de calquera cousa que digo; pero a miúdo en paliación pola expresión descoidada ou mal escollida. E en ningún momento podo estar máis en necesidade de tal indulxencia que no presente, cando escribo apresuradamente e baixo circunstancias de –mais non importa de qué–. Crea, en xeral, que escribo baixo circunstancias tan desfavorables para a coidadosa selección das palabras como se poida imaxinar.

Na miña última carta declinei falar da literatura antiga, por ser un asunto demasiado voluminoso e difícil de manexar para os meus límites. Agora recorro a el por causa de gardar e restrinxir esa oración particular na que falei da literatura romana como inferior á grega. En común con todo o mundo, debo, por necesidade, pensar así no drama, e en xeral na poesía kat´ hetsojen. De feito, para algunhas formas de poesía, mesmo da orde máis baixa, foi a desgracia da literatura romana que non foron cultivadas ata a era de gusto fastixiado, que en toda nación ten lugar nunha certa etapa da sociedade. Foron rudamente transplantadas coma exóticas, e nunca pasaron polos xustos graos de crecemento natural no chan romano. A pesar disto, os máis exquisitos espécimes da máis leve lírica que o mundo viu ata agora débense buscar en Horacio; e moi poucos escritores de tódolos países se acercaron a Virxilio na arte da composición, por moi baixo que esteamos dispostos hoxe a situalo como poeta, cando se xulga na competición desigual co sublime da literatura cristiá. A verdade é (e a isto paga a pena que se lle dea atención) que o sublime peculiar da mente romana non se expresa, nin se ten que buscar, na súa poesía. A poesía, de acordo co ideal romano dela, non era un órgano adecuado para os máis grandes movementos da mente nacional. O sublime romano ten que buscarse nos actos e nos ditos romanos.

En canto ós actos, mire a súa historia durante mil anos, sen exceptua-la primeira e fabulosa parte, -que, pola mesma razón de que é fabulosa2, debe tomarse coma o máis puro producto da mente romana. Mesmo a infancia de Roma foi coma o berce de Hércules, glorificada por espléndidas marabillas, "Nec licuit populis parvum te, Nile, videre". Polos seus ditos, polas súas anécdotas, os seus serios bon-mots, os romanos non teñen igual en grandeza. "¡Ingleses!", díxome unha vez un francés, "vostedes que discuten a nosa pretensión ó sublime, e protestan que "la manière noble" dos nosos artistas viste un carácter de falsetto, qué pensan deste dito dun dos nosos reis, que non se fixo Rei de Francia para vinga-las inxurias do Duque de Orléans (é dicir, del mesmo, baixo tal título)?". "¡Pensar!" dixen eu, "bo, penso que é unha fala magnífica e real, e a miña xenerosidade inglesa é tal que desexo de todo corazón que o emperador Adriano non dixese o mesmo mil cincocentos anos antes".3 Eu mesmo daría de boa gana cinco xilíns para compra-lo dereito de copia do dito para a nación francesa; porque eles necesítano, e os romanos podían pasar sen el. Pereant qui ante nos mostra dixerunt! ¡Maldito sexa o nome de Adriano que se interpón entre Francia e o máis sublime dos bon-mots! Ónde, de novo, atoparía unha expresión máis adecuada da maxestade romana se non no dito de Traxano –Imperatorem oportere stantem mori– que Cesar ten que morrer de pé, unha fala de grandeza imperial; que implicaba que el, que era "o home máis sobresaínte de todo este mundo", e, con respecto a tódalas outras nacións, o representante da súa, debería expresa-la súa característica virtude no seu acto de despedida –debería morrer in procinctu– e debería enfrontarse ó derradeiro inimigo4, coma ó primeiro, cunha contención romana, e nunha actitude de soldado. Se isto tiña unha actitude imperial, o seguinte tiña unha maxestade consular, e é case a máis grande historia recordada. Mario, o home que alzou à caligâ para ser sete veces cónsul, estaba nunha cela, e mandáronlle un escravo coa comisión de darlle morte. Estas eran as persoas –os dous extremos da exaltada e triste humanidade, o seu home de vangarda e de retagarda, un cónsul romano e un abxecto escravo–. Pero as súas relacións naturais entre eles foron, por capricho da fortuna, monstruosamente invertidas. O cónsul estaba encadeado: o escravo foi por un momento o árbitro do seu fado. ¿Con que feitizos, con que maxia se reinstaurou Mario nas súas prerrogativas naturais? ¿Por que marabillas, tiradas do ceo ou da terra, se volveu, nun chiscar de ollos, investir coa púrpura, e situar entre el e ou seu asasino unha hoste de sombríos lictores? Pola simple e branca supremacía das grandes mentes sobre as débiles. El fascinou ó escravo, coma unha serpe de cascabel fai cun paxaro. En pé, coma "Tenerife", esnaquizouno co seu ollo, e dixo, "Tunc homo, audes occidere C. Marium?" ¿Ti, home, intentas matar a Caio Mario? Ó que o réptil, tremelando baixo a súa voz, sen ousar afronta-lo ollo consular, afundiuse docemente no chan, xirou sobre as súas mans e pés, e saíndo a gatas da prisión coma outro verme, deixou a Mario só de pe, tan dereito e inmóbil coma o Capitolio.

En anécdotas coma estas –nas accións de emerxencias que poñen a proba e as súas apropiadas circunstancias- é onde eu atopo a revelación da mente romana baixo o seu máis alto aspecto. A mente romana era grande na presencia do home e mesquiña na presencia da natureza; impotente para comprender ou delinea-la loita interna da paixón,5 pero poderosa máis aló de calquera outra mente nacional para desenvolve-la enerxía da vontade victoriosa sobre toda paixón. De aquí vén que o verdadeiro sublime romano non existe en ningures con tanta pureza coma nos traballos que non foron compostos con referencia a modelos gregos. Neste sentido, disinto completamente da superficial clasificación que expresa as relacións de mérito entre os escritores do período augusto e os que seguiron, baixo o tipo dunha idade de ouro e outra de prata. Como artistas, e con referencia á composición, sen dúbida moitos dos escritores da última idade foron clasificados así correctamente; pero unha inferioridade quoad hoc non argúe unha inferioridade uniforme e absoluta; e o feito é que, en peso e grandeza de pensamento, os escritores da idade de prata eran moi superiores ós da de ouro. De feito, isto pode terse buscado en fundamentos a priori; porque os escritores da idade de prata eran máis verdadeiramente escritores romanos por dúas causas: primeiro, porque confiaban máis no seu xeito de pensar nativo, e, mirando con menos ansiedade os arquetipos gregos, escribían con máis naturalidade sentimento e orixinalidade; segundo, porque as circunstancias políticas dos seus tempos eran vantaxosas, e os liberaban da caución sospeitosa que agarrotaba os movementos naturais da mente romana no primeiro establecemento da monarquía. Tódalas aldraxes de despotismo que ocorreron nos tempos dos escritores da idade de prata foron súpetas, temporais, caprichosas e persoais, na súa orixe e dirección; pero na idade augusta, non era o temperamento de Augusto, persoalmente, e de seguro non o temperamento dos escritores que os levara a calquera exceso de especulación licenciosa, o que creaba o perigo de pensamento ousado. O perigo estaba nos tempos, que eran inquedos e revolucionarios. A loita co partido republicano era aínda demasiado recente; as feridas e cicatrices do Estado demasiado novas; a orden existente das cousas demasiado inmatura e crítica: o partido triunfante aínda visto coma un partido, e por esta causa sentíndose aínda un partido militante. Augusto tiña esa queixa crónica dun "formigo no pescozo" do que príncipes posteriores disque tiveron ataques agudos os 30 de xaneiro. De aí un ton servil e tímido na literatura. Os máis feros republicanos non podían ser mencionados a salvo. Non era decoroso gabar nin ó mesmo Cicerón; e Virxilio, como quizás vostede sabe, contribuíu, por insinuación, a insultar6 a súa memoria na Eneida. Pero, a medida que o poder irresponsable dos emperadores creceu en seguranza, o seu celo de sentimento republicano abateu moita da súa acuidade. E, considerando que a liberdade de pensamento republicana foi a verdadeira matriz do sublime romano, non debería de sorprendernos que, tan pronto como se aliviou a mente nacional da presión que pesaba sobre o estilo natural do seu sentimento, a literatura retrocedera cara a un movemento máis libre, cunha elasticidade proporcional á intensidade e brevidade da súa depresión. De acordo con isto, en Séneca o filósofo, en Lucano, en Tácito, mesmo en Plinio o novo, etc. pero especialmente nos dous primeiros, afirmo que hai unha altivez de pensamento máis eminente e caracteristicamente romana que en calesquera escritores precedentes: e nese punto de vista cualificalos coma escritores de idade de Prata, vale só para os que son servís ós lugares comúns da crítica irreflexiva.

O estilo do pensamento nos escritores da idade de Prata, coma materia prima, era xeralmente máis valioso que o dos seus predecesores, por moito que aqueles caeran baixo estes na arte de compoñer ese material. E aínda engadirei que, cando admito os vastos defectos de Lutero, por exemplo, coma artista, non se me ha de entender que implique nesta concesión a menor tolerancia coa doutrina vulgar de que a dicción dos escritores da idade de Prata é baixo calquera punto de vista máis baixa ca o estándar da pura latinidade coma existía nos escritores da idade ciceroniana. Non existe unha mellor estructura da latinidade, e direino con afouteza, que a de Petronius arbiter: e considerados coma un corpo os escritores da idade de Prata son en canto a dicción non menos romanos, e en canto a pensamento moito máis intensamente romanos que calquera outro número igual de escritores de idades precedentes; e, con moi poucas excepcións, están mellor preparados para tomar un lugar permanente nas miradas dos homes da súa idade ou da miña, cando as facultades meditativas, se existen, son aptas para expandirse e excitar unha ansia por un maior peso de pensamento que o que se atopa normalmente nos escritores antigos da literatura romana. Feita esta explicación, e feita tamén esta "amén de honorable" á literatura romana que pedía a miña propia gratitude, volvo á parte restante do meu asunto nesta carta, a saber, os fundamentos da elección entre as linguas da Europa moderna. Reservando para a miña conclusión algo que teño que dicir sobre estas linguas como depositarias de literatura propiamente chamada así, falarei primeiro delas coma depositarias de coñecemento. Entre as catro grandes razas de homes en Europa, a saber –1. A celta, que ocupa unhas poucas extremidades occidentais7 de Europa; 2. Os teutónicos que ocupan as partes norte e central8; 3. Os latinos (mesturados con tribos teutónicas) que ocupan o Sur9 e, 4. Os eslavos, que ocupan o Leste, é evidente que da primeira e da derradeira é innecesario dicir nada neste lugar, xa que as súas pretensións para a literatura non se estenden ó noso presente sentido da palabra. Ningún celta tampouco, por moi extravagante, pretende a posesión dun corpo de filosofía celta e ciencia celta de crecemento independente. As linguas celtas e eslavas rexeitadas en consecuencia, o noso asunto actual é coas das familias latinas e teutónicas. Agora ben, tres das da familia latina, a saber, o italiano, o español e o portugués, están excluídas de inmediato para o propósito que temos diante de nós: porque é notorio que, por causas políticas e relixiosas, estas tres nacións participaron só debilmente nos traballos científicos e filosóficos xerais da época. Italia, de feito, cultivou a filosofía natural cun celo exclusivo; unha dirección probablemente impresa na mente nacional pola reverencia patriótica polos seus grandes nomes neste departamento. Pero, simplemente por causa dese coñecemento (sen supoñer ningún outro motivo), sería ocioso paga-lo prezo de aprender unha lingua –tódalas contribucións actuais á ciencia son reunidas regularmente na colleita xeral de Europa polos xornais científicos, ambos, os de Europa e alén–. Das linguas latinas, en consecuencia, que son totalmente linguas de nacións católicas, só unha –isto é, a francesa– pode presentar suficiente atracción para un estudiante en busca de coñecemento xeral. Das literaturas teutónicas, por outra banda, que son os adecuados representantes dos intereses intelectuais protestantes en Europa (xa que ningunha nación católica fala unha lingua teutónica salvo os estados do Sur de Alemaña e parte dos Países Baixos) todas dan paso á vez ás sobresaíntes pretensións do inglés e do alemán. Non digo isto coa levidade da ignorancia, coma se supoñerá, como algo normal, que nun pequeno territorio, como Dinamarca, por exemplo, a literatura debe, por necesidade, soportar un valor equivalente ó seu rango político. Polo contrario, teño algunha familiaridade coa literatura danesa10, e aínda que, no propio sentido da palabra literatura como un corpo de arte creativa, non a podo estimar de forma máis alta, aínda así, coma depositaria de coñecemento nunha particular dirección –a saber, a dirección da investigación histórica e antiga– ten sen dúbida, altas apelacións para a atención do estudiante. Pero esta é unha dirección na que unha longa serie de escritores que descenden dunha remota antigüidade é de máis importancia que un gran corpo contemporáneo; mentres que, para o cultivo do coñecemento nun sentido máis comprensivo, e chegado a un lugar presente, amplos esforzos simultáneos son de máis importancia cós esforzos sucesivos máis longos. Agora ben, para o tal propósito, é evidente de por si que os medios a disposición de cada Estado deben estar en proporción debida ó seu rango estatístico; xa que non só deben as institucións científicas, os compradores de libros, etc. garda-lo paso do progreso xeral do país, senón que o comercio só, e as artes da vida, que se benefician tanto da ciencia, reaccionan naturalmente diante da ciencia nun grado proporcional á riqueza de cada Estado na súa demanda de axuda en química, mecánica, enxeñería, etc.; un feito cos seus inevitables resultados, para o que pouco necesito chamar a súa atención. Aínda máis, renunciando a tódolos argumentos simplmente presuntivos, a simple cantidade de libros publicada anualmente nos distintos países de Europa pon fora de toda dúbida a materia de que o gran comercio do pensamento e do coñecemento no mundo civilizado é hoxe dirixido en tres linguas –o inglés, o alemán e o francés–. Vostede, en consecuencia, tendo a boa fortuna de ser un inglés, ten que face-la súa elección entre as dúas últimas; e sendo isto así, penso que non hai lugar para a dúbida –o "detur pulchriori" sendo, neste caso (isto é, recorde, cunha referencia exclusiva ó coñecemento) unha dirección fácil de seguir.

O Dr, Johnson adoitaba dicir da literatura francesa, como a cousa máis amable que debía dicir dela, que a valoraba principalmente por esta razón –que tiña un libro sobre calquera tema–. Ata ónde esta podía ser unha opinión razoable fai cincuenta anos, e comprendida, como o Dr. Johnson quixera implicar, da literatura francesa comparada coa literatura inglesa do mesmo período, non intentarei dicilo. Certamente deixou de ser certa baixo estas restriccións, e está en flagrante oposición á verdade se estendida ó francés en relación co alemán. Indubidablemente a literatura francesa presenta para o estudiante certas vantaxes peculiares, como ¿que literatura non ten? –algunhas, mesmo que non anticipariamos–; porque, malia valorarnos xustamente como unha nación pola nosa educación clásica, aínda así, ningunha literatura é máis pobre cá inglesa na aprendizaxe das antigüidades clásicas, –os nosos Bentleys, incluso, e os nosos Porsons, botaron todo o seu coñecemento na canle da filoloxía–; mentres que un só volume das Memorias da Academia Francesa de Inscricións contén máis investigación anticuaria útil que unha biblioteca inglesa enteira. En dixestos de historia, de novo, a lingua francesa é máis rica cá nosa, e nos seus diccionarios de coñecemento misceláneo (non nas súas enciclopedias). Pero todas estas son vantaxes do francés con relación ó inglés só, e non coa literatura alemana, que polo seu vasto compás, variedade, e extensión, excede con moito tódalas outras coma depositaria das actuais acumulacións de coñecemento. O simple número de libros publicados anualmente en Alemaña, comparado co producto anual de Francia e Inglaterra, é por si só unha evidencia satisfactoria desta aserción. Con relación a Francia é un segundo argumento no seu favor que a actividade intelectual de Alemaña non está intensamente acumulada nunha gran capital, coma está en París; pero mentres converxe aquí e alí coa suficiente intensidade para tódolos propósitos útiles (coma en Berlín, Königsberg, Leipzig, Dresde, Viena, Munich etc.) é tamén difundida sanamente sobre todo o territorio. Non hai unha cidade de sexto grao na Alemaña protestante que non contribúa anualmente a súa cota de libros: a cultura intelectual traballou todo o solo: non un distrito, senón que penetrou,

"Like Spring,

Wich leaves no corner of the land untouched."*

Unha terceira vantaxe do lado de Alemaña (unha vantaxe para este propósito) é a súa división nun gran número de estados independentes. Desta circunstancia derívase o beneficio dunha rivalidade interna entre os seus distintos membros, sobre e por riba de esa externa rivalidade xeral que mantén sobre tódalas nacións. Unha vantaxe do mesmo tipo gozamos nós en Inglaterra. A nación británica está afortunadamente separada en tres grandes divisións, e deste xeito excítase un sentimento nacional de emulación e competición –leve, de feito, ou ningún, pola parte dos ingleses, (non por ningún mérito, senón por simple decaemento do sentido patriótico), máis forte pola parte dos irlandeses, e ás veces antiliberal e odiosamente forte pola parte dos escoceses (especialmente a medida que se descende no rango dos cabaleiros). Pero, malia ser noxenta ás veces na súa expresión, esta nacionalidade é de gran servicio para os nosos esforzos en tódalas direccións. Gáñase un triple poder para a excitación interna das enerxías nacionais; mentres que, respecto a calquera inimigo externo ou rival externo, as tres nacións actúan coa unidade dunha forza única. Pero a máis conspicua vantaxe da literatura alemana é a súa grande orixinalidade e ousadía de especulación, e o carácter de masculina austeridade e precisión impresa nos seus traballos científicos pola filosofía de Leibniz e Wolff ata agora, e pola máis severa filosofía dos nosos días. Falando da literatura alemana en total, sería simple afectación non dicir nada sobre un asunto con tanta fama e tan mal representado coma este. Aínda así, atender ós chamados dun esforzo desta clase nun momento de debilidade e atención exhausta sería o medio certo de inflixirlle gran fatiga a vostede. Polo momento, pois, retírome.

1 "Composición". Esta palabra úsoa nun senso, non de feito peculiar meu, pero aínda así non moi común, nin en ningures, que eu saiba, suficientemente desenvolvido. É da máis alta importancia na crítica; e, en consecuencia, eu engadiría unha nota sobre a verdadeira construcción da idea, ben sexa ó final desta carta ou da próxima, de acordo co espacio que quede.

2 En adición ós argumentos presentados ultimamente na Quarterly Review, para degradar e converter en bastarda e primeira historia de Roma, podo mencionar aquí outros dous, alegados hai moitos anos en conversación por un amigo meu. 1. O inmoderado espacio de tempo asignado ós reinados dos reis. Porque, aínda que é posible que o reinado dun rei poida cubrir dúas xeracións enteiras (como é o caso de Xurxo III), ou mesmo dúas e media (como é o de Luís XIV), aínda así é no máis alto grao improbable que unha serie de sete reis, inmediatamente consecutivos, fixesen de media, no caso máis favorable, máis de vintecatro anos cada un: para a proba do cal vexa a Cronoloxía Colectiva de Europa Antiga e Moderna. 2. A proxección dramática e artificial das partes para estes reis. Cada un adiántase coma unha persoa escénica, para interpretar una parte ou personaxe distinto. Un fai Roma, outro fai as leis, outro fai un exército, outro os dereitos relixiosos, etc. E ó final de todo chega un cabaleiro que "fai a parte bruta" de destruír, en efecto, o que os seus predecesores construíran; e así provén unha decorosa catástrofe para toda a representación, e un magnífico nacemento para a forma republicana de goberno.

3 "Submonente quodam ut in pristinos inimicos animadverteret, negavit se ita facturum? Adjecta civili voce -minime licere Pincipe Romano, ut quae privatus agitasset odia –ista Imperator exequi." Spartiam in Had. Vid. Histor. August.

4 Non se obxecte tampouco que é irracional opoñe-lo que non hai posibilidade de opoñer sen éxito. Cando o Senado romano se mantivo inamovible nos seus sitios na entrada dos Galos co cheiro da tormenta en Roma, fixérono non supoñendo que este espectáculo de dignidade senatorial podería desarmar a ira do seu salvaxe inimigo; de facéreno, o seu acto perdería todo o seu esplendor. A linguaxe da súa conducta foi esta: no que concirne á grandeza da vontade, levamos a nosa resistencia ata o derradeiro extremo, e expresámola no modo adecuado ó noso rango. Por todo o que vai alén non somos responsables; e tendo rexistrada a nosa "protesta" en tan enfática lingua, a morte non se fai deshonor. O stantem mori expresa o mesmo principio, pero nun acto simbólico.

5 Tan palpable é esta verdade que os críticos máis irreflexivos foron levados por isto a sospeita-las pretensións do Atys a unha orixe romana.

6 "Orabunt alíi causa melius." Aen. VI. Unha opinión sobre a superioridade grega neste punto, que é tan dubidosa mesmo para nós na nosa perfecta imparcialidade neste día, coma unha opinión xeral sen discriminación de persoas, que podemos estar seguros de que non se lle podía ter ocorrido a un romano espontaneamente nunha explosión de sentimento patriótico, e tivo que ser deliberadamente manufacturada para afacerse ós desexos malignos de Augusto. Moi especialmente porque, en calquera relación de oposición ou indiferencia ós principios dun goberno militar, ó Parcere subjectis etdebellare superbos, Virxilio pode ve-las belas artes da pintura, a escultura, etc, pero non pode senón ter visto as artes da elocuencia forense como na máis estreita alianza con tal principio.

7 A saber: 1.Nas provincias de Cornwall, Gales, Manks, Highland, Escocia e Irlanda do imperio británico (na primeira e na derradeira é certo que o bárbaro sangue celta foi mellorado moito pola mestura teutónica para permiti-la nosa consideración das razas existentes como puramente celtas; isto, sen embargo, non afecta á clasificación das súas xenuinas reliquias literarias); 2. En Biscaia; e 3. Na Baixa Bretaña (Armórica): para non dicir nada dun distrito celta que din que existía nos Alpes etc.

8 A saber: Islandia, Suecia, Noruega, Dinamarca, Alemaña, Os Países Baixos, Inglaterra e as Lowlands escocesas.

9 A saber: Italia, Francia, España e Portugal.

10 * Aproveito esta oportunidade para mencionar un feito curioso que constatei hai uns doce anos, cando estudiaba o danés. Os filólogos ingleses e escoceses teñen afirmado xeralmente que as invasións danesas dos séculos nove e dez, e os seus asentamentos en varias partes da illa (coma Lincolnshire, Cumberland, etc.) deixaran poucas ou ningunha traza deles na lingua. Esta opinión foi reafirmada ultimamente polo traballo do Dr. Murray sobre as linguas europeas. É, sen embargo, imprecisa. Porque o notable dialecto falado entre os lagos de Cumberland e Westmoreland, xunto cos nomes das montañas, lagoas, etc., resistíndose a maioría destas a desvela-lo seu significado do anglosaxón ou calquera forma de teutónico, son puro danés –polo regular intelixible polo danés de hoxe en día, pero en tódolos casos intelixible pola forma antiga do danés–. Cando se reúnan as miñas Opera omnia, reimprimirei unha pequena memoria sobre este asunto, que inserín hai uns catro anos nun xornal provincial: ou posiblemente antes de tal evento, para o divertimento dos turistas dos Lagos, o Sr. Wordsworth poderá facerme o favor de aceptalo como un apéndice ó seu traballo sobre os Lagos ingleses.

* Coma a primavera

Que non deixa unha esquina da terra sen tocar.

 

CARTA V

Estimado señor: Na miña última carta, tendo sinalado o inglés, o alemán e o francés como as tres linguas nas que o gran comercio do pensamento e do coñecemento se dirixe hoxe en día no mundo civilizado, e tendo atribuído tres moi considerables vantaxes á lingua alemana comparada co francés, propuxen en conclusión, como unha vantaxe máis conspicua aínda que calquera na que insistira antes, a grande orixinalidade e ousadía de especulación que ten distinguido as investigacións filosóficas de Alemaña durante os últimos cento cincuenta anos.1 Neste punto, como se opuña a algúns prexuízos e grandes malinterpretacións entre nós, declinei naturalmente falar ó peche dunha carta que quizás xa esgotara a súa atención. Mais como sería simple afectación evitar completamente unha cuestión sobre a que se reuniu tanto interese, e un interese que, dos seus obxectos e fundamentos, ten que ser tan durable, deille razón para esperar que diría algunhas palabras sobre o que neste tempo se entende por Filosofía alemana2, isto é, a filosofía de Kant. Isto fareino agora. Pero déixeme recordarlle con qué propósito, para que non teña que botarme na cara, como unha falta, esa limitada noticia do meu asunto que prescriben a natureza e mailas proporcións do meu plano. Nunha carta breve non se pode supoñer posible, se fose doutro xeito adecuado nesta ocasión, que eu emprenda unha análise dunha filosofía tan comprensiva como para non deixar sendeiros de lexítimo interese sen tocar, e tan profunda que presupón moitos exercicios preparatorios do entendemento. O que pide o curso do meu asunto é que libere o nome e a reputación da filosofía kantiana de calquera engano que se poida recoller sobre os seus propósitos e pretensións, a través das representacións dos que falaron dela entre nós. O caso é este: xa lle aconsellei que lle prestase especial atención á literatura alemana, como unha literatura de coñecemento, non de poder; e entre outras razóns para este consello aleguei o alto carácter e pretensións da súa filosofía. Pero estas pretensións atoparon ataques ou representacións grandemente equivocadas, de tódolos escritores, dentro do meu coñecemento, que lle prestaron atención á filosofía neste país. En tanto estes caeron no seu camiño, deben naturalmente telo indisposto contra o meu consello; e faise, en consecuencia, asunto meu, sinalar algúns feitos que poden tender a desarma-la autoridade deses escritores só ata volver situalo a vostede no lugar dun estudiante neutral e sen prexuízos.

As persoas que introduciron a filosofía kantiana á atención do público inglés, ou máis ben intentaron facelo, foron dous alemáns –o Dr. Willich e (non moito máis tarde) o Dr Nitsch–. O Dr, Willich, creo, foi ó Hades neste últimos doce anos: certamente os seus traballos fórono; e o Dr. Nitsch, malia non ir ó Hades, marchou (teño entendido) a Alemaña, o que responde ó meu propósito do mesmo xeito; porque non é probable que unhas poucas palabras pronunciadas en Londres contribúan a atopar a un home enterrado na multitude de trinta millóns de alemáns. Quoad hoc, en consecuencia, o Dr. Nitsch pode ser considerado non menos defunto có Dr. Willich; e non corro o risco de feri-los sentimentos de ninguén se proclamo ós dous doutores unhas moi eminentes mulas tordas. É difícil dicir quen escribiu o libro máis absurdo. O de Willich é un simple caso de facer un libro, e non merece ningún tipo de atención. Pero Nitsch, que parece que foi un home que aturaba ben as penas, produciu un traballo que, nisto é merecedor de mención, reflexa coma nun espello unha característica común a moitos dos comentarios alemáns sobre as obras de Kant, e que está ben expoñer. Con moi poucas excepcións, estes traballos están compostos sobre un simple principio: séndolles imposible obter unha idea do significado ou sentido de Kant, naturalmente os escritores preguntáronse qué se podía facer. ¿Porque un home non entende nin iota do seu autor, vai por iso deixar de facer comentarios sobre el? Isto era duro, en verdade, e unha sorte de abstinencia que é máis fácil recomendar que practicar. Os comentarios hai que escribilos; e se non o fan os que entenden o sistema (o que sería o mellor plano) daquela (o que é claramente o segundo mellor plano) fano os que non o entenden. O Dr. Nitsch pertencía a este último e moi respectable corpo, da grande superioridade numérica do cal con respecto ós outros podo toma-la responsabilidade de poñerme de aval. Sendo deste corpo, o valioso doutor adoptou o seu expediente, que é simplemente este: nunca librar unha doutrina salvo nas palabras do seu dono; repetir coma un loro en tódalas ocasións as ipsissima verba de Kant; e nin sequera aventurarse no experimento dunha nova ilustración sacada dos seus propios fondos. Ben preto deste principio foi como o desgraciado Bruckner e outros construíron grandes historias da filosofía. Ó non ter comprensión do significado interno e as relacións de ningunha opinión filosófica, nin sospeitando a qué tendía, ou en qué necesidades do intelecto nacera, ¿como podería o home facer máis que adherirse supersticiosamente a esa fórmula de palabras na que lle compracera ó filósofo vestila? Non era razoable esperar que o fixese. Pedirlle que a presentase en calquera novo aspecto da súa propia concepción sería tentalo en perigosas e perplexas situacións: sería, de feito, unha agresión directa á súa seguridade persoal, e pedirlle que se fixese felo de se. Cada xiro dunha oración pode corre-lo risco de rompela; e a ningún home se pode obrigar a que arrisque o seu pescozo, crédito ou entendemento no beneficio do pescozo, crédito ou entendemento doutro home. "Todo isto está moi ben", dirían o Dr. Nitsch e os seus irmáns. "Está moi ben para vostedes, cabaleiros, que non teñen que facer ningún comentario, entender ó seu autor; pero esperar que nós o entendamos tamén, que temos que escribir comentarios sobre el en dous, catro ou ata doce volumes in octavo, só serve para amosar ata onde pode chega-la falta de razonabilidade da natureza humana," O doutor estaba determinado en principios morais a non comprometerse con tanta falta de razonabilidade; e, xunto con tódolos seus irmáns, púxolle proa a entender todos e cada un dos capítulos, parágrafos ou oracións de Kant, mentres se esperara deles que cumprisen co seu deber como comentadores;3 e baixo tales auspicios, non suporán que Kant chegou diante do público inglés con calquera vantaxe de patronaxe. Entre dous defensores tales como Nitsch no lado dereito e Willich no esquerdo, non coñezo o filósofo que escapase ó afundimento. Pero, afortunadamente para Kant, os defensores mesmos afundiron; e ningún home que eu atopei vira ou oíra nunca dos seus libros, o vira a un home que os vira. Non parecía que foran, ou falando loxicamente, puideran ser esquecidos, porque ningún home os recordara nunca.

Partidos os dous doutores respectivamente para o Hades e Alemaña, non acordo autores de respectabilidade que intentasen desde entón atrae-la atención do público inglés á filosofía kantiana excepto: 1. un autor anónimo nun número recente da Edimburgh Review; 2. o Sr. Coleridge; 3. o Sr. Dugall Stewart; 4. Madame de Staël, nun traballo publicado, creo, orixinalmente neste país, e durante a súa residencia entre nós. Non engado o Sr. William Drummond a esta lista porque os meus acordos de algo que escribiu sobre o tema de Kant (nas súas Cuestións Académicas) son moi imperfectos; nin ó Sr. W., o reputado autor dun artigo sobre Kant (o máis elaborado, segundo me din, que existe ata agora na lingua inglesa) na Encyclopaedia Londinensis; porque a este ensaio, xunto con outras noticias de Kant noutras enciclopedias, ou noutros lados, non lle cadrou de caer no meu camiño. Os catro escritores arriba mencionados foron de certo os únicos sobre este asunto que lograron suficiente influencia, xa directamente nas súas propias persoas, ou (como no primeiro caso) vicariamente a través da canle polo que o autor comunicaba co público para afectar considerablemente a reputación de Kant neste país para mellor ou peor. Como ningún dos catro, agás o Sr. Coleridge, tiña, ou profesaba ter, ningunha familiaridade directa coas obras orixinais de Kant, senón que sacaron a súa información de imbéciles libros franceses, etc., despedir as súas opinións sen máis noticia non sería tratar inxustamente ós outros tres; porque sobre unha cuestión filosófica, e moito máis sobre o destino dun gran sistema filosófico que se supón que está sub iudice, é tan inmerecedor dunha grave e pensativa crítica basearse sobre o informe de segunda man dun retórico escintilante como sería inadecuado e extraxudicial nun xuízo solemne ocupa-lo oído da corte coa charla dun pobo campestre.

Sen embargo, para non omitir ningún punto de cortesía con calquera dos escritores, direi unha ou dúas palabras sobre cada un deles separadamente. O primeiro e o terceiro escribiron cun espírito de hostilidade cara a Kant; o segundo e o cuarto como amigos. Tomareinos nesa orde. O escritor do artigo na Edimburgh Review, supoño que foi, por evidencias internas, o finado Dr. Thomas Brown, un pupilo do Sr. Dugald Stewart e o seu sucesor na cátedra de filosofía Moral en Edimburgo. Este é un asunto sen importancia en si mesmo; nin eu teño o hábito de molestarme e molestar ós outros con charlatanería literaria dese tipo; pero menciónoo como unha conxectura miña; porque se ocorre que estou no certo, sería un caso moi singular que os únicos dous escritores no meu coñecemento que esqueceron ata o momento o carácter filosófico para intentar un exame dun vasto e elaborado sistema de filosofía, non no orixinal, nin en ningunha versión latina autorizada ou acreditada (das cales había dúas mesmo xa nese tempo), nin en ningunha versión calquera, senón na retórica de ouropel dunha philosophie à la mode parisiense, unha especie de philosophie pour les dames, que a eses dous escritores, poñéndose de acordo tan notablemente na súa disposición para esquece-lo carácter filosófico, lles cadrase de estaren tamén estreitamente conectados na vida literaria. En tales coincidencias sospeitamos algo máis que un accidente cego; sospeitámo-la tendencia natural da súa filosofía, e cremos que estamos equipados cunha medida do seu poder para liberar á mente da présa, do capricho, da inxustiza, en actos tan deliberados, que ou suxire ou tolera. Se a súa propia curiosidade filosófica se satisfixo cunha información tan parca, a simple xustiza requiría que non fundasen, cun aval tan leve e sospeitoso, nada en menosprezo da filosofía ou do seu fundador. O libro revisado polo comentador de Edimburgo, e no que se basea para a súa avaliación da filosofía kantiana é o ensaio de Villars; un libro tan enteiramente infantil, que quizás non caia unha mortificación máis fonda sobre o comentador cá do descubrimento da extensión na que fora enganado polo autor. Deste libro abonda dicir que os mesmos termos que expresan as bisagras do sistema non aparecen nel. O Sr. Stewart confiou principalmente en Dégérando; un autor de mente moito máis sobria, de moito mellor sentido, e cun maior celo pola verdade, pero, desafortunadamente, con non máis habilidade para penetrar baixo a superficie do sistema kantiano. O Sr. Dégérando é presentado como unha evidencia á que non se lle pode pór excepción, co fundamento de que "os paisanos de Kant" o admiten como tal. "Os paisanos de Kant"4, simplemente como paisanos, non poden ter máis título a unha opinión sobre este punto que un home de Grantham puidera ter dereito a dogmatizar sobre a filosofía de Sir Isaac Newton, sobre o fundamento de que era un concidadán de Sir Isaac. O aire de Königsberg non fai a un home filósofo. Pero se o Sr. Stewart quere dicir que a competencia do Sr. Dégérando foi admitida polos paisanos de Kant que tiñan unha educación que lles permitiu entendelo, e os escritos dos cales proban que o entenderon (como, por exemplo, Reinhold, Schulze, Tieftrunk, Beck, Fichte e Schelling), resulta que o informaron mal. A simple existencia de obras como a Histoire comparée do Sr. Dégérando, que non pode ser mirada a unha luz máis alta cá dos indicios verbais do corpus philosophiae; é probablemente descoñecida para eles; certamente ningún libro desa clase popular o toma en conta ningún deles, nin podería parecerlles máis elevado que unha álxebra elemental ós ollos dun matemático. Se un home recoñece o intento de Dégérando de facer un resumo popular de Kant como algo sólido, ipso facto, degrádase do dereito a unha opinión sobre a materia. As nocións elementais de Kant, mesmo o principal problema do seu gran traballo, non son nin aludidos por Dégérando. E, por certo, se algún home fala na súa presencia de Kant, e vostede sospeita que está falando sen coñecemento, e quere pararlle os pés, direille cómo pode levar a cabo o tal fin. Dígalle como segue: Señor, o meu conselleiro, estudiado nesta materia, instruíume que o principal problema da filosofía da que está a falar está envolto no termo transcendental, e que pode expresarse así: "An detur aliquid transcendentale in mente humana", ¿"Hai algo na mente humana que realice a noción de transcendental" (tal e como esa noción é regulada e usada por Kant)? Agora ben, como isto fai necesario sobre tódalas cousas dominar esa noción no máis pleno sentido, agradeceríalle que ma explicase a min. E como ademais explicáronme que a resposta a esta cuestión é afirmativa, e está implicada no termo unidade sintética, ¿molestaríalle aclararme ónde xace a diferencia entre esta e a chamada unidade analítica? Falando así, pillarao con toda probabilidade; o que é, en calquera caso, unha cousa desexable gañada cando un home insiste en desturba-la compaña discutindo e falando de filosofía.

Pero, para volver ó asunto: como sempre ten que haber unha forte presunción en contra da filosofía de manufactura parisiense (que é, neste departamento a mercadoría de Birmingham de Europa); en segundo lugar, como o Sr. Dégérando admitiu expresamente (de feito exclamouno) que axustara e enfeitizara un pouco o sistema kantiano, para axeitalo á sociedade de "Les gens comme il faut"; e finalmente como había versións latinas, etc. de Kant, pódeselle ocorrer razoablemente a calquera lector preguntar por qué o Sr. Stewart non as consultou. A esta pregunta, o Sr. Stewart responde, que non podía atura-lo seu "bárbaro" estilo e nomenclatura. Debo confesar que non vexo en tal resposta nada digno dun filósofo; e que o esperaría máis dun petit-maître literario que dun profesor emérito de Filosofía Moral. ¿Declinaría un filósofo un útil experimento de física porque estragará as súas luvas de cabrito? ¿Quen que estea sincera e ansiosamente en procura da verdade se preocupa ou pensa no estilo en tales estudios?5 De feito, o estilo, nun sentido propio, non é unha cousa máis posible nas investigacións nas que Kant chama ó entendemento que o é nos Elementos de Euclides. E en canto a nomenclatura, supoñendo que fose bárbara, ¿quen obxecta á nomenclatura da química moderna, que é quoad materiam, non só bárbara, senón híbrida? Onde prevalecen a lei e a orde intelectuais, desbarbarizan (se se me permite tal acuñamento) o que pode ser bárbaro nos seus elementos: a forma ennobrece a materia. Pero, ¿como é bárbara a terminoloxía kantiana, que está formada principalmente de termos gregos ou latinos? Ó construíla Kant procedeu deste xeito: onde era posible, colleu termos obsoletos e esquecidos da filosofía platónica e da escolástica, ou restaurou palabras das que abusara o uso popular no seu significado filosófico orixinal. Noutros casos, cando ocorren dobres expresións para a mesma noción, facíaas notar e reacuñábaas, coma quen di. Ó facer isto superábao ás veces en parte e guiábao a tendencia da lingua. Tódalas linguas, como xa se fixo notar, tenden a liberarse de sinónimos a medida que a cultura intelectual avanza –novas sombras e combinacións de pensamentos desenvolvidas no progreso da sociedade toman e apropian as palabras superfluas–. E antes de que esta apropiación estea fixada e petrificada, coma se fose, no vocabulario recoñecido da lingua, un insensible clinamen (para coller prestada unha palabra de Lucrecio) prepáralle o camiño. Así, por exemplo, moito antes de que o Sr. Wordsworth desvelase a gran distinción filosófica entre os poderes da fantasía e da imaxinación, as dúas palabras xa empezaran a diverxer unha da outra; a primeira sendo usada para expresar unha facultade algo caprichosa6 e exenta de lei, a última para expresar unha facultade máis autodeterminada. Cando, por tanto, se percibiu finalmente que baixo unha aparente unidade de sentido latía un dualismo real, e por propósitos filosóficos era necesario que esa distinción tivese a súa apropiada expresión, esta necesidade atopouse no medio do camiño co clinamen que xa afectara o uso popular das palabras. Así, tamén, nas palabras Deísta e Teísta; naturalmente deberían expresa-la mesma noción: unha a un oído latino e outra ó grego. Mais ¿de que uso son tales duplicados? Está ben que as necesidades do entendemento acaden gradualmente todos eses casos por ese insensible clinamen que as axeita para un mellor propósito có de estender a simple erma fertilidade da lingua, a saber; tomándoas ó servicio do pensamento. Neste caso Deísta usábase xeralmente en Europa para expresa-lo caso do que admite un Deus, pero baixo os menores predicados que satisfagan as condicións do entendemento. Un Teísta, pola outra banda, mesmo no uso popular, denotaba ó que admite un Deus con algúns máis predicados (transcendentais); como, por exemplo, baixo a relación dun gobernador moral do mundo. En casos coma estes, en consecuencia, onde Kant se atopou anticipado polo progreso da lingua, non fixo máis que regular e ordena-lo evidente nisus e tendencia do uso popular nunha distinción severa. Onde, sen embargo, as nocións eran dunha natureza demasiado sutil para que o entendemento popular as asise, e demasiado pequenas no uso diario da vida para seren afectadas polas causas que moldean o curso da lingua, aí empezaba e acababa o proceso de separación mesmo.

¿E cales eran os usos de todo isto? Pois os usos eran estes: primeiro, en relación con todo o sistema da filosofía transcendental: as novas nocións que se fixaban e gravaban así eran necesarias para o sistema; eran útiles en proporción ó que era útil, isto é, en proporción ó que era verdadeiro. Secundariamente, estendían o dominio do pensamento humano, á parte do sistema e independentemente del. Un cambio e chamamento perpetuo érguese para a mente na terminoloxía kantiana para clarificar e regula-las súas propias concepcións, que, sen disciplina, son aptas, polas súas sutís afinidades para mesturárense e influírense. As novas distincións son outros tantos problemas intelectuais que dominar. E, mesmo sen vistas a un estudio formal da filosofía transcendental, daríaselle unha grande ampliación ó entendemento revisando un diccionario kantiano, ben explicado e ben ilustrado.7 Esta terminoloxía, en consecuencia, era útil: 1. como un medio para un fin (sendo parte dun sistema); 2. como un fin en si mesma. Con isto chega para os usos. En canto ó poder da mente exercitado para construíla. (entre o cal e os usos xace a avaliación do servicio de Kant; porque, se non é polos usos, entón non temos que agradecerlle ningunha dificultade que teña superado; e se non superou ningunha dificultade, entón non podemos adscribirlle coma mérito ningún uso que pode discorrer del), en canto ó poder exercido en construíla, non creo probable que vostede cometa o mesmo erro que oín dalgunhas persoas irreflexivas, e que, de feito, late no fondo de moito do que se ten escrito contra o escuridade de Kant, como se Kant non fixese máis que impoñer novos nomes. Certamente, se isto fose todo, o mérito non sería moi conspicuo. Custaría poucos esforzos mentais dicir, sexa isto A e sexa isto D: chamémoslle a esta noción transcendente, e a esa transcendental. Tal afirmación, sen embargo, supón que as ideas xa son coñecidas e familiares, e que simplemente queren nomes. Nisto está a metedura de pata. Cando Kant asignaba nomes, creaba as ideas; isto é, traíaas á conciencia. Ó asignarlle á noción complexa X o nome de transcendental, Kant non estaba só transferindo unha palabra que fose usada previamente polos escolásticos a un oficio máis útil; traía ó servicio do intelecto un novo nacemento; é dicir, traendo unha síntese que non existira antes coma síntese, partes ou elementos que existen e avanzan a cada hora na mente de cada home. Chamo a súa atención sobre isto, porque oirá frecuentemente tales cambios rexeitados así (ou outros que implican o mesmo erro): "Ben, se hai algún sentido nos escritos dese señor Kant, que os poidamos ler no vello inglés materno", Ou sexa, noutras verbas, transferir á lingua non científica da vida nocións científicas e relacións que non está adecuada para expresar. O contendente avanza no erro común de supoñer que tódalas ideas están completamente desenvolvidas in esse en tódolos entendementos; ergo, no seu; e tódalas que están no seu cre que podemos expresalas en inglés. Así, o contendente, nas súas nocións, teno a vostede nun dilema, en calquera caso; porque se non a traduce, entón confirma a súa crenza de que todo iso é xerga; e se o fai (como, sen dúbida, coa axuda de moitas perífrases, pode traducilo ó inglés, de xeito que poida ser intelixible para un home que xa entende a filosofía) entón, ¿onde estaba o uso da nova terminoloxía? Ora, o xeito de tratar con este tipo é como segue: Meu estimado señor, farei o que pide, pero, antes de facelo, pídolle que me faga o favor de 1. traducir estas matemáticas na lingua da química; 2. traducir esta química na lingua das matemáticas; 3. as dúas na lingua da cociña; e finalmente, resólvame o problema de Cambridge "Dado o nome do capitán, e os anos do noso Señor, determina-la lonxitude do barco". Este é o xeito de tratar cos tales tipos.

A terminoloxía de Kant, pois, non é un rebautismo de ideas xa existentes na consciencia universal; é en parte unha ampliación do entendemento con novo territorio (do cal acabo de falar) e en parte unha mellor regulación do vello territorio. Esta regulación é, ou negativa, e consiste en limitar máis adecuadamente a liña limítrofe de concepcións que foron ata agora definidas imperfectamente; ou é positiva, e consiste na substitución por nomes que expresan as relacións e dependencias do obxecto (termini organici) dos termos convencionais que apareceron por accidente, e non expresan esas relacións (termini bruti). É sobre este principio como se constrúe a nomenclatura da química: substancias que eran coñecidas antes por nomes arbitrarios e non significativos son agora coñecidas por nomes sistemáticos; isto é, tal e como expresan as súas relacións ás outras partes do sistema. Deste xeito, a terminoloxía faise, dalgún modo, orgánica; e sendo ela mesma un producto dun avanzado estado da ciencia, é un importante reactivo para facilitar posteriores avances.

Estes son os beneficios dunha sólida terminoloxía; ó cal, déixeme engadir que non se pode inventar unha terminoloxía mellorada –nin sequera unha plausible– que non presupoña unha teoría mellorada. Agora ben, seguramente tales beneficios teñen que superar calquera ofensa ós oídos ou ó gusto, se hai algunha. Pero a elegancia da coherencia é a única elegancia que ten que posuír unha terminoloxía, ou de feito, pode posuír. O entendemento é, neste caso, o árbitro; e cando iso aproba, debe ser un enfastío de sentimento que non se somete á facultade que preside. Como un exemplo de terminoloxía repulsiva, citaría a de Aristóteles, que ten algo de rudo e técnico nela e que a prevén de mesturarse nunca coa corrente da lingua ordinaria; mesmo con isto, sen embargo, en tanto satisface os seus propósitos, a mente aprende pronto a reconciliarse. Pero aquí, coma noutros puntos importantes, a terminoloxía de Kant distínguese con vantaxe da aristotélica, ó adaptarse con gran ductilidade a calquera variedade de estructura e arranxo que incida na dicción filosófica.

Falei tan longamente do tema da terminoloxía de Kant, porque é probable que sexa o primeiro escollo para o estudiante da súa filosofía; e porque de feito foi o primeiro tema de ataque entre os que falaron del neste país; se pode ser chamado ataque o que procede con recoñecida ignorancia dos traballos orixinais.

Un ataque moito máis serio a Kant foi a noticia amable de Madame de Staël. As fontes das que sacou as súas opinións entendeuse que foron os dous Schlegel, e, probablemente, o Sr. Dégérando. Coma algúns paisanos de Kant (e.g. Kiesewetter), ela contribuíu a traduci-la súa filosofía nun sentido que a deixa tolerablemente fácil de aprender; pero desafortunadamente a expensas de calquera propósito definido, aplicabilidade ou sentido filosófico. Por outra banda, o Señor Coleridge, que gracias ás súas potencialidades filosóficas e indubidable familiaridade cos traballos de Kant sería máis adecuado que ninguén para explicalos ó estudiante inglés, ten desgraciadamente pouco talento para ensinar ou comunicar calquera sorte de coñecemento, e aparentemente demasiado pouca simplicidade de mente ou celoso desexo de facelo. Disto veu que, moi lonxe de axudar ó progreso de Kant neste país, o Sr. Coleridge tivo que retardalo expoñendo o oráculo en verbas de maior escuridade délfica ca aquela coa que o orixinal alemán podía telas presentado ó estudiante inmaturo. É, ademais, característico da mente do Sr. Coleridge que nunca devolve algo como o recibiu. Tódalas cousas modifícanse e altéranse ó pasar polos seus pensamentos; e, desta causa, creo, combinada coa súa aversión ó traballo continuado, agroma a súa indisposición para as matemáticas; porque a elas ten que contentarse con collelas como as atopa. Agora ben, esta indocilidade da mente indispón gravemente a un home para ser un fiel expoñedor dun sistema filosófico; e isto levou ó Sr. Coleridge, de feito, a facer varias representacións equivocadas de Kant; só anotarei unha, xa que pode indispoñelo para prestarlle atención a Kant. Nun dos seus traballos adscribiulle a Kant a bobada dunha doutrina exotérica e esotérica; e isto sobre fundamentos completamente insostibles. Ó Kant directo e de mente sinxela, estou persuadido, chocaríalle esta sospeita máis que calquera outra coa que o cargasen.

Poño todas estas consideracións xuntas na tendencia de corrixir algúns dos máis fondos erros cos que a xente chega ó exame dos sistemas filosóficos, xa sexa coma estudiantes ou coma críticos.

1. Unha boa terminoloxía será un dos primeiros resultados dunha boa teoría; e de aquí, aínda que unha terminoloxía coherente non é suficiente evidencia a favor dun sistema, a ausencia de tal terminoloxía é evidencia suficiente contra el.

2. Pregúntase cal é a verdadeira filosofía. Pero esta non é a forma de face-la pregunta. O propósito da filosofía non é tanto acumular verdades positivas en primeiro lugar, como rectifica-la posición da mente humana, e corrixi-lo seu modo de ver. O progreso da especie humana neste vieiro non é directo, senón oblicuo. Unha filosofía non difire doutra só pola cantidade de verdade e erro que achega; non hai ningunha que tivese algunha vez interese pola mente humana na que non se atope que contén algunha verdade de importancia ou algunha aproximación a ela. Unha filosofía diferénciase da outra máis pola posición que tomou, e polo aspecto baixo o que contemplou o seu obxecto

3. Téñenlle obxectado a Kant algúns críticos deste país que as súas doutrinas son, nalgúns casos só doutrinas achegadas por outros filósofos. Os casos alegados foron moi desafortunados, pero, sen dúbida, tódalas verdades que se conteñen (de acordo coa última consideración) nos sistemas erróneos, e ás veces, nos mesmos erros da mente humana, ha de reunilas no seu avance o verdadeiro sistema. Onde o sendeiro erróneo vagou en diferentes direccións, volveu sobre si perpetuamente, e atravesou o campo da investigación cos seus labirintos en todas direccións, sen dúbida o vieiro da verdade hao intersectar a miúdo, e quizás por unha curta distancia o acompañará; pero que nesta coincidencia non recibe ningún impulso ou determinación daquilo co que coincide aparecerá da forza de autodeterminación que o levará fóra da mesma dirección tan inevitablemente coma entrou nela.

4. A proba dun gran sistema filosófico é a miúdo concibida falsamente. Os homes imaxinan un certo número de grandes problemas sobresaíntes do maior interese para a natureza humana, sobre os que a todo sistema se lle require que mida as súas forzas; e o verdadeiro será, pensan, o que os resolva todos, e a mellor aproximación ó verdadeiro o que resolva máis. Pero esta é unha forma moi errada de xulgar. A verdadeira filosofía terá a miúdo ocasión de amosar que eses supostos problemas non son problemas, senón simples imposicións da mente sobre ela mesma, que saen da súa posición sen rectificar –erros baseados en erros–. Unha proba moito mellor dunha filosofía sólida có número dos problemas preexistentes que resolve será a calidade dos que propón. Ó ergue-la posición do espectador traerá unha rexión de nova investigación á súa vista; e a mesma facultade de comprender estas cuestións dependerá moi a miúdo da posición desde a que se ven. Porque, como os primeiros e máis rudos problemas que estimula a curiosidade humana vólvense ás veces sen base e irreais, así tamén a máis alta orde de problemas será incomprensible para o entendemento indisciplinado. Isto é un feito que non deberían perder nunca de vista os que presumen dos seus poderes naturais e incultivados poderes de mente para xulgar a Kant, Platón ou calquera outro gran filósofo.

5. Pero o máis grande erro que nunca atopei, como fundamento para expectativas irrazoables con referencia non só a Kant, senón a tódolos filósofos orixinais, é a persuasión que ten a xente de que os seus entendementos conteñen xa en total desenvolvemento tódalas nocións que a filosofía pode pedir; e isto non é por vaidade, senón por pura concepción errónea. De aí pensan naturalmente que todo o que ten que face-lo filósofo é apuntar ós elementos do coñecemento como existen xa preparados, e inmediatamente o coñecemento total dunha mente transfírese a calquera outra. Mire os esforzos de calquera home para dominar unha nova doutrina en filosofía, e atopará que involuntariamente se dirixe ó simple labor dialéctico de traspor, disolver, e recombina-las nocións que xa ten. Pero non é así como ningunha verdade importante se pode desenvolver na mente. Necesítase nova materia tanto como nova forma. E a consideración máis importante que podo suxerir como caución a aqueles que se aproximan a un gran sistema de filosofía como se fose unha serie de embrollos coas súas respostas é esta: ningunha verdade complexa ou moi importante foi nunca ata agora transmitida en total desenvolvemento dunha mente a outra. A verdade dese carácter non é unha peza de mobiliario que hai que mover; é unha semente que ten que ser sementada, e pasar polos diferentes estados do crecemento. Ningunha doutrina de importancia pode ser transferida nunha forma madura ó entendemento dun home desde fóra: debe abrollar por un acto de xénese no entendemento mesmo.

Con esta consideración conclúo; sincronicamente seu.

1 Datando dos primeiros traballos de Leibnitz, bastante máis.

2 Teño oído alegada como unha razón pola que non existe nin pode ser creado un grande interese na filosofía alemana entre os ingleses que "non hai demanda de libros sobre este asunto" na cal consideración hai unha singular confusión de pensamento. ¿Había algunha "demanda" para a filosofía newtoniana, ata que apareceu a filosofía newtoniana? ¿Como podería haber algunha "demanda" para libros que non existen? Pero, considerando as altivas pretensións da filosofía kantiana, argüiría unha grande ignorancia da natureza humana supoñer que a afirmación desas pretensións non atopase ningún interese cando se fixo coñecer; e, de feito, entre homes pensativos e intelectuais ten existido un moi fondo interese durante moito tempo, como a miña propia experiencia foi suficiente para convencerme. De feito ¿que evidencia se podería alegar máis forte da apatía e decaemento na actividade intelectual, e en toda dirección honorable de intereses intelectuais, cá posibilidade de que unha filosofía sistemática nacese nunha gran nación próxima a nós, e que se arrogase ter sentado para sempre moitas das cuestións de máis peso que atinxen a dignidade e o futuro progreso da especie humana, e aínda así non atraese atención e interese? Podemos estar seguros de que ningunha nación que non estivese completamente emasculada no seu poder mental –isto é, mentres sobrevivan algúns estudios severos nela– pode degradarse tanto. Pero estes xuízos acaban de esperar demasiado dos movementos do chamado "mundo literario": a literatura representa moi imperfectamente os intereses intelectuais dun pobo; e a xente literaria é nunha gran proporción ben pouco intelectual.

3 Baixo esta denominación comprendo toda a turba de abreviadores, abstractores, facedores de diccionarios, etc, etc., vencellados ó establecemento da filosofía kantiana. Un dos últimos, por certo, Schmidt, o autor dun diccionario kantiano, pode ser citado coma o beau idéal dos comentaristas kantianos. Estaba completamente de acordo co Dr. Nitsch sobre o deber de non entender ó seu autor; e actuou baixo este principio ó longo de toda a vida –sendo, de feito, o que os homes de Cambridge chaman un Bergen-op-zoom, isto é, un que teimosamente desafía ó seu autor–, mantén un asedio de doce ou vinte anos sobre o seu entendemento, e sobrevive ó ultimo, inabalable a tódolos asaltos da razón ou dos argumentos, e ás máis pesadas baterías do sentido común.

4 O lector pode supor que esta non podía se-la intención do Sr. Stewart. Pero existe un erro moi xeral no relativo á terminoloxía de Kant –aínda que un foráneo pode atopar algunhas dificultades nela que son salvadas polo nativo–. "Os seus propios paisanos", di un respectable xornal literario, cando fala de Kant (Edinburgh Monthly Review de Agosto de 1820, p.168), "atopan difícil comprende-lo seu significado, e seguen discutindo sobre el hoxe". ¿Por que non? A terminoloxía de Kant é parte grega, parte escolástica; e ¿como se faría intelixible para un alemán qua alemán, simplemente porque están habituados ás terminacións e inflexións alemanas?


5 A dicción do libro en particular que recomendaron á atención do Sr. Stewart, a saber, a Expositio Sistematica de Phiseldek, un profesor danés, ten tódolos méritos que pode ter unha dicción filosófica, é notablemente perspicaz, precisa, simple e sen afectación. É demasiado unha simple metafrase de Kant, e ten demasiado pouca variedade de ilustración: á parte diso non coñezo un mellor dixesto da filosofía.

6 A cal distinción sobresae aínda máis no derivativo secundario fanciful, e no derivativo primario fantastic. Digo derivativo primario en referencia á historia da palabra: 1.Phantasia, de onde phantasy, 2 para fines métricos phant’sy (coma se pronuncia no Du Bartas de Sylvester e outros poemas escolásticos de aquel tempo), 3, deixando caer o t na pronunciación; phansy ou fancy. Agora ben, do nº 1 vén fantastic, do nº 3 vén fanciful.

7 Nalgúns casos é certo que a construcción das ideas é posterior á do sistema, e presupón un coñecemento del, máis que precedelo; pero isto non é polo regular certo.

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2003
© da tradución Perfecto Andrade