Voltar

Mariana Alcoforado

Cartas de amor

Versión galega de Teresa Grande Piñeiro

 

I


Considera, meu amor, ata que punto fuches confiado. ¡Ah! infeliz, fuches enganado e enganáchesme con falsas esperanzas. Unha paixón sobre a que fixeras tantos proxectos de praceres, non che causa agora senón unha mortal desesperación, que só pode ser comparada coa crueldade da ausencia que a provoca. ¡Como! ¿Esta ausencia para a que, a miña dor, por máis que se esforce, non pode atopar un nome abondo funesto, privarame, entón, para sempre de fitar eses ollos nos que eu vía tanto amor e que me facían coñecer impulsos que me enchían de gozo, que o eran todo para min ata o punto de só precisar deles para vivir?

¡Ai! os meus están privados da única luz que os animaba, tan só lles quedan as bágoas; non os usei senón para chorar sen descanso, dende que souben que estabades decidido a un afastamento que me é insoportable e polo que morrerei en pouco tempo.

Sen embargo, semella que me sinto atraída polas desgracias das que sóde-la única causa: entreguéivo-la miña vida en canto vos vin e sinto certo pracer sacrificándovola.

Mil veces ó día envíovos os meus suspiros, procúranvos por todas partes, e só me traen, como única recompensa a tantos desacougos, un aviso demasiado sincero da miña triste sorte, que ten a crueldade de non soportar que eu me ilusione e que en todo momento me di: basta, infeliz Mariana, basta de consumíreste en van e de procurares un amante que non verás máis; que atravesou os mares por fuxir de ti, que está en Francia no medio dos praceres, que nin por un momento pensa nas túas dores; e que che dispensa de todos eses transportes que nin sequera che agradece.

Pero non, non podo decidirme a xulgarvos tan inxuriosamente, demasiado interesada estou en xustificarvos: de ningunha maneira quero imaxinar que me esquecerades. ¿Non son xa bastante infeliz sen me atormentar con falsas sospeitas? ¿E por que vou esforzarme en non lembrar todo o coidado que puxestes en testemuñarme o voso amor? Quedei tan enfeitizada por todos eses coidados, que sería ingrata se non vos amase co mesmo arroubo que a miña paixón me daba cando gozaba dos testemuños da vosa.

¿Como é posible que as lembranzas de momentos tan agradables chegaran a ser tan crueis? ¿E é necesario que contra a súa natureza, non sirvan máis que para tiraniza-lo meu corazón? ¡Ai! a vosa última carta reduciuno a un lamentable estado; sufriu axitacións tan sensibles que semellaba facer esforzos por separarse de min e por ir ó voso encontro; estiven tan aflixida por todas estas violentas emocións, que fiquei máis de tres horas abandonada de tódolos meus sentidos: prohibinme volver a unha vida que debo perder por vós, xa que para vós non podo conservala; volvín ver, finalmente, ó meu pesar, a luz, satisfacíame sentir que morría de amor; e por outra parte tranquilizábame o non estar xa exposta a ve-lo meu corazón roto pola dor da vosa ausencia.

Despois destes accidentes, sufriu moitas e variadas indisposicións: ¿pero poderei eu vivir sen males en canto non vos vexa? Sopórtoos, sen embargo, sen queixa, pois veñen de vós. ¿Como? ¿é esa a recompensa que me dades por amarvos tan tenramente?

Mais non importa, estou disposta a adorarvos toda a vida e a non ver nunca a ninguén, e asegúrovos que tamén vós fariades ben en non volver amar xamais.

¿Poderiades estar satisfeito cunha paixón menos ardente cá miña? Quizais atoparedes maior beleza (sen embargo, noutro tempo, dixéstesme que era ben fermosa) pero non acharedes nunca tanto amor, e todo o demais non é nada.

Non encháde-las vosas cartas de cousas inútiles non me escribades máis pedíndome que me lembre de vós. Non podo esquecerme de vós, e tampouco esquezo que me destes esperanzas de vir pasar algún tempo comigo. ¡Ai! ¿por que non queredes pasar comigo a vida enteira?

 

Se me fose posible saír deste infortunado claustro, non agardaría en Portugal que se cumprisen as vosas promesas: iría, sen pensalo, a procurarvos, a seguirvos e a amarvos por todo o mundo. Non me atrevo a facerme ilusións de que iso poida ocorrer, e non quero de ningún modo alimentar unha esperanza que, abofé, me daría algún pracer; xa non quero máis que ser sensible á dor.

Confeso, con todo, que a ocasión que me deu o meu irmán de escribirvos, espertou en min algún sentimento de gozo, e que por un momento detivo a desesperación na que vivo.

Suplícovos que me digades por que porfiastes en me enfeitizar como o fixestes, se xa ben sabiades que me tiñades que abandonar. ¿E por que vos empeñastes en facerme infeliz? ¿Por que non me deixastes tranquila no meu claustro? ¿E que vos ofendín?

Pídovos perdón: non vos culpo de nada. Non estou en condicións de pensar na miña vinganza, só acuso a dureza do meu destino. Paréceme que, ó separarvos, fíxonos todo o mal que podiamos temer; non saberá separa-los nosos corazóns; o amor, máis poderoso, uniunos para toda a nosa vida.

Se tedes algún interese pola miña, escribídeme a miúdo. Ben merezo que tomedes algún coidado en me amosa-lo estado do voso corazón e da vosa fortuna; sobre todo, vídeme ver. Adeus, non podo deixa-lo papel, caerá nas vosas mans, eu quixera te-la mesma sorte. ¡Ai! ¡que aloucada son! ben me decato de que non é posible.

Adeus, non podo máis. Adeus; amádeme sempre e facédeme sufrir aínda maiores males.

II

 

Paréceme que firo profundamente os sentimentos do meu corazón, ó procurar que os coñezades poñéndovolos por escrito.

Que feliz sería se fosedes quen de xulgalos pola violencia dos vosos. Pero non debo guiarme por vós, e non podo deixar de vos dicir, con menos forza cá dos meus sentimentos, que non deberiades maltratarme como o facedes, cun esquecemento que me leva á desesperación, e que mesmo é unha vergonza para vós; é ben xusto, polo menos, que soportedes o meu lamento polas desgracias que previra cando vos vin resolto a deixarme.

Ben sei que me enganei ó pensar que o voso proceder sería de mellor fe que de costume, porque a grandeza do meu amor me puña por riba de toda clase de sospeitas e merecía maior fidelidade da que normalmente se encontra. Pero a predisposición que tedes para traizoarme é superior á xustiza que debedes a todo canto fixen por vós; non deixarei de ser ben desgraciada mentres me amedes só porque eu vos amo, quixera debelo todo unicamente á vosa inclinación; mais estou ben lonxe dese estado, pois non recibín de vós nin unha soa carta dende hai seis meses.

Atribúo toda esta desgracia á cegueira coa que me entreguei a vós: ¿non debería prever que os meus praceres rematarían antes que o meu amor? ¿Podería eu agardar que quedasedes toda a vosa vida en Portugal e que renunciasedes á vosa fortuna e ó voso país para só pensardes en min?

A miña dor xa non ten consolo e a lembranza dos meus praceres éncheme de desesperación. ¿Como? ¿Logo son inútiles tódolos meus desexos e xa non vos volverei ver no meu cuarto con toda a paixón e o arroubo que me entregabades?

Pero ¡ai! engánome. De máis sei que tódalas emocións que me enchían a cabeza e o corazón, en vós só eran provocadas por algúns praceres e remataban tan axiña coma eles.

 

Sería preciso que neses momentos tan felices apelase á miña razón para que me axudase a modera-lo terrible exceso das miña delicias e para que me anunciase todo o que agora estou a sufrir. Pero eu dábame enteiramente a vós e non estaba en condicións de pensar no que puidera envelena-la miña alegría e impedirme gozar plenamente dos testemuños ardentes da vosa paixón; decatábame de que sentía demasiado agrado convosco como para pensar que un día vos afastariades de min.

Sen embargo lémbrome de tervos dito algunha vez que me fariades infeliz: pero eses temores axiña se disipaban, e eu compracíame en sacrificárvolos e en me abandonar ó feitizo e á mala fe das vosas protestas.

Ben vexo o remedio a tódolos meus males; de contado estaría libre deles se deixase de amarvos: pero ¡ai de min! ¡mal remedio! ¡non! mellor sufrir que esquecervos ¡Ai! ¿Dependerá de min? Non podo acusarme de ter desexado nin un só momento non amarvos máis.

Sodes máis merecedor de compaixón ca min, pois máis vale sufrir todo o que eu sufro que gozar dos febles praceres que vos dan as vosas amantes de Francia. Non envexo a vosa indiferencia; sinto mágoa de vós. Desafíovos a esquecerme totalmente. Gábome de ter conseguido que sen min non gocedes senón praceres imperfectos; e son máis feliz ca vós, pois a miña vida está máis chea.

Desde hai pouco fixéronme porteira deste convento. Tódolos que me falan pensan que estou tola; non sei o que lles respondo; teñen que ser máis insensatas ca min as relixiosas que me viron capaz de calquera traballo.

!Ah! Como envexo a felicidade de Emmanuel e de Francisco; ¿por que non estarei sempre convosco coma eles? Seguiríavos e serviríavos seguramente moito mellor; non desexo outra cousa no mundo máis que vervos.

Polo menos, lembrádevos de min. Abóndame coa vosa lembranza, aínda que non me atrevo a asegurala.

Nunca limitei as miñas esperanzas ó voso recordo, cando vos vía tódolos días; pero ben me aprendestes como debía someterme a todo o que vós quixerdes.

Sen embargo, non me arrepinto de tervos adorado; estou feliz de que me seducirades. A vosa ausencia rigorosa e quizais eterna, en nada diminúe a entrega do meu amor. Quero que todo o mundo o saiba, non fago disto un misterio, estou encantada por ter feito todo o que fixen por vós contra todo decoro. A miña relixión e a miña honra xa só consisten en amarvos enlouquecidamente toda a miña vida, pois a amarvos comecei.

E non vos digo todas estas cousas para obrigarvos a escribirme, nin moito menos. ¡Non vos apuredes!, de vós só espero o que espontaneamente queirades ofrecer e rexeito tódalas testemuñas do voso amor que poidan comprometervos. Compráceme desculparvos pois vós quizais sentiredes pracer en non leva-lo traballo de escribirme; sinto unha profunda disposición para perdoarvos tódalas vosas faltas.

Un oficial francés tivo a caridade de me falar de vós esta mañá máis de tres horas e comentoume que se conseguira a paz en Francia. Se é así, ¿non poderiades vir a verme e levarme a Francia? Pero non o merezo, facede o que queirades, o meu amor xa non depende da maneira en que me tratedes.

Dende que marchastes, non tiven nin un momento de saúde, e non teño outro pracer que nomearvos mil veces ó día; algunhas relixiosas que coñecen o estado deplorable no que me mergullastes fálanme a miúdo de vós. Saio o menos posible de meu cuarto, a onde tantas veces tedes vido e miro seguido o voso retrato que para min é mil veces máis querido cá miña vida. Algún pracer me dá, pero tamén me dá algunha dor, cando penso que quizais non vos volva ver nunca máis. ¿E por que ha ser posible que nunca máis vos vexa? ¿Deixástesme para sempre?

Estou desesperada; a vosa pobre Mariana non pode máis, esvaece ó rematar esta carta.

Adeus, adeus, tede compaixón de min.

 

III

 

¿Que será de min? ¿Que queredes que faga? Que lonxe estou de todo o que previra. Esperaba que me escribisedes dende tódolos lugares polos que pasasedes e que as vosas cartas fosen moi longas. Que mantivesedes a miña paixón coa esperanza de volvervos ver, que unha total confianza na vosa fidelidade me daría un certo sosego e que permanecería, mentres tanto, nun estado bastante soportable, sen excesiva dor. Pensara, mesmo, nalgúns lenes proxectos de facer todo o que fose capaz para curarme, se puidese saber, con certeza, que me esquecestes totalmente. O voso afastamento, algúns impulsos de devoción, o temor de botar a perder por completo o resto da miña saúde con tantas vixilias e tantas inquietudes, a pouca probabilidade do voso retorno, a frialdade da vosa paixón e das vosas últimas despedidas, a vosa partida, baseada en tan miserables pretextos, e outras mil razóns, demasiado boas e demasiado inútiles, parecían ofrecerme un auxilio bastante seguro, se chegase a serme necesario. Non tendo que combater senón comigo mesma non podería xamais desconfiar das miñas debilidades, nin comprender todo o que agora eu sufro.

¡Ai! pobriña de min, como lamento non poder compartir convosco as miñas dores, e estar sufrindo completamente soa e desgraciada. Esta idea mátame, e morro co temor de que nunca fosedes demasiado sensible a tódolos nosos praceres.

Si, agora sei da mala fe dos vosos impulsos: traizoástesme todas aquelas veces que vós diciades estar encantado de sentirvos a soas comigo. Só ás miñas impertinencias debo os vosos arroubos. Elaborastes con frialdade o propósito de acenderme: ollabades a miña paixón tan só como unha victoria; o voso corazón nunca se deixou tocar profundamente por ela.

¿E logo non sodes abondo desgraciado e tedes tan pouca delicadeza que non soubestes aproveitar doutro xeito a miña entrega? ¿Como é posible que con tanto amor non puidese facervos completamente feliz?

Lamento, só polo voso amor, os praceres infinitos que perdestes: ¿é posible que non os quixerades gozar? ¡Ah! se os coñecesedes, veriades, sen dúbida, que son moito máis intensos que os que vos producen o terme enganado, e comprobariades que un é moito máis feliz, que sente algo máis forte cando ama violentamente que cando é amado.

Non sei nin o que son nin o que fago, nin sequera o que desexo: véxome tronzada por un cento de forzas contrarias. ¿Pódese imaxinar un estado tan deplorable?

Ámovos perdidamente e respéctovos demasiado como para non atreverme, quizais, a arelar que sexades afectado polos mesmos arrebatos; mataríame ou morrería de dor sen me matar se estivese segura de que non teredes nunca sosego, que a vosa vida non é máis que inquietude e axitación, que chorades sen cesar e que todo é odioso para vós; xa non podo remedia-los meus males ¿como podería soporta-la dor que me darían os vosos, se para min serían mil veces máis penosos?

Sen embargo tampouco consigo decidirme a desexar que non pensedes máis en min; e falándovos con sinceridade, teño feros celos de todo canto vos dá alegría e toca o voso corazón e o voso gusto en Francia.

Non sei por que vos escribo, ben vexo que só teredes mágoa de min e eu non quero en absoluto a vosa piedade.

Estou resentida comigo mesma cando penso en todo o que vos sacrifiquei: perdín a miña reputación, expúxenme ó furor dos meus, á severidade das leis do meu país contra as relixiosas e á vosa ingratitude que é para min a máis grande de tódalas desgracias.

Sen embargo, ben sei que os meus remorsos non son verdadeiros, e que, no fondo do meu corazón, eu quixera, por amor a vós, corre-los maiores perigos; sinto un pracer funesto en arrisca-la miña vida e o meu honor; todo o que teño máis prezado ¿non debería estar á vosa disposición? E ¿non debería estar tranquila de empregalo como o fixen? Ata me parece que case non estou satisfeita nin coas miñas dores, nin co exceso do meu amor, aínda que non poida, ¡ai! gabarme de estar contenta convosco.

Vivo ¡infiel como son!, e fago tanto por conserva-la miña vida como por perdela ¡Ah! morro de vergonza: ¿é que a miña desesperación existe só nas miñas cartas? Se vos amase tanto como vos teño dito mil veces, ¿non estaría morta xa hai moito tempo?

Enganeivos, sodes vós quen vos debedes queixar de min ¡Ai! ¿por que non vos queixades? Vinvos partir, non podo esperar que volvades, e sen embargo, respiro: traizoeivos, e pídovos perdón.

Pero ¡non mo concedades! ¡Tratádeme severamente! ¡Non vos pareza que os meus sentimentos son o bastante violentos! ¡Sede máis difícil de contentar! ¡Facédeme saber que vós queredes que morra de amor por vós! Rógovos que me deades este auxilio, para que supere a debilidade do meu sexo, e que acabe con tódalas miñas indecisións por unha verdadeira desesperación. Un final tráxico obrigaríavos, sen dúbida, a pensar moito máis en min, estimariáde-la miña memoria, e estariades tal vez notablemente conmovido por unha morte extraordinaria; ¿non vale máis a morte que o estado ó que me reducistes?

Adeus, desexaría non tervos visto nunca.

¡Ah! Que vivamente sinto a falsidade deste sentimento e sei, no momento no que vos escribo, que prefiro ser desgraciada amándovos a non tervos coñecido nunca; acepto, pois, sen lamentacións, a miña triste sorte, xa que vós non quixestes volvela mellor.

¡Adeus! prometédeme que sentiredes saudade de min tenramente, se morro de dor, e que polo menos a violencia da miña paixón vos faga aborrecer e apartarvos de todo; este consolo abondarame e se é preciso que vos abandone para sempre, desexaría non entregarvos a outra. ¿Non sería cruel pola vosa parte servirvos da miña desesperación para facervos máis adorable e para amosar que provocáste-la maior paixón do mundo?

¡Adeus, outra vez! Escríbovos cartas demasiado longas, case non teño consideración convosco, e por isto pídovos perdón; atrévome a esperar que teñades algunha indulxencia cunha pobre insensata, que non o era, como ben sabedes, antes de amarvos.

Adeus, paréceme que falo de máis do estado insoportable no que me encontro: así e todo agradézovos dende o fondo do meu corazón, a desesperación que me causades e detesto a tranquilidade na que vivín antes de vos coñecer.

Adeus, a miña paixón medra a cada instante. ¡Ah! ¡tantas son as cousas que quixera dicirvos...!

 

IV

 

Acaba de me dici-lo voso lugartenente que unha tempestade obrigouvos a recalar no reino do Algarve: temo que sufrirades moito no mar e este receo ocupoume de tal maneira que non pensei máis nos meus males. ¿Pareceravos que o voso lugartenente sente máis ca min todo o que vos acontece? Logo, ¿por que está el mellor informado?, e ademais, ¿por que non me escribistes?

Ben desgraciada son se, desde que marchastes, non atopastes ningunha ocasión para o facer; e moito máis o son se a tivestes e non a aproveitastes. A vosa inxustiza e a vosa ingratitude non teñen límites; pero eu desesperaríame se elas vos ocasionasen algunha desgracia; prefiro que queden sen castigo a ser vingada.

Resístome a tódolos indicios que deberían convencerme de que xa non me amades e síntome máis disposta a abandonarme cegamente á miña paixón que ás razóns que me dades para queixarme da vosa pouca atención.

¡Cantas inquietudes me teriades aforrado se o voso proceder fose tan feble, os primeiros días que vos vin, como mo pareceu dende hai algún tempo! ¿Pero quen non se deixaría enganar, como eu me deixei, por tanto fervor, e quen non o tería por sincero? ¡O que custa decidirse a sospeitar, por moito tempo, da boa fe daqueles que amamos!

Ben vexo que a máis pequena desculpa vos chega, e nin sequera téde-la preocupación de ma dar; o amor que teño por vós sérvevos tan fielmente, que non podo consentir en acharvos culpable senón para gozar do extraordinario pracer de xustificarvos eu mesma.

Consumístesme coa vosa insistencia, acendéstesme cos vosos arroubos, enfeitizástesme coa vosa compracencia, amarrástesme coas vosas promesas; a miña inclinación violenta seduciume e o que segue a estes comezos tan agradables e tan felices son só bágoas, salaios e unha morte funesta, sen que eu lle poida poñer remedio a todo isto.

É verdade que tiven praceres sorprendentes amándovos, pero cústanme agora grandes dores, e tódalas emocións que provocades en min son esaxeradas.

Se resistise con teimosía o voso amor, se vos dese algún motivo de preocupación ou de celos para acendervos máis, se notasedes algunha enxeñosa reserva na miña conducta, se quixese, en fin, opoñe-la miña razón á inclinación natural que sinto por vós, e que vós axiña me descubristes (anque os meus esforzos fosen, sen dúbida, inútiles) poderiades castigarme severamente e servirvos do voso poder; pero parecéstesme amable, antes de me dicir que me amabades, manifestástesme unha gran paixón, engaiolástesme e entregueime a amarvos perdidamente.

Non estabades tan cego coma min; daquela ¿por que permitistes que eu chegase ó estado no que me encontro? ¿que queriades facer con tódolos meus arroubos que para vós tiñan que ser ben inoportunos?

Ben sabiades que non quedariades sempre en Portugal. E ¿por que me escollestes a min para facerme tan infeliz? Sen dúbida encontrariades neste país unha muller máis fermosa, coa que teriáde-los mesmos praceres, xa que só praceres groseiros procurabades; unha muller que vos amaría fielmente mentres vos vise, á que o tempo consolaría da vosa ausencia e á que poderiades deixar sen perfidia e sen crueldade. Este proceder é máis ben o dun tirano, dedicado a acosar, que o dun amante que só debe pensar en agradar.

¡Ai! ¿por que sodes tan rigoroso cun corazón que é voso? Ben vexo que vos deixades persuadir tan facilmente contra min como eu me deixei no voso favor. Eu resistiría, sen precisar de todo o amor que vos teño e sen pensar que fixese algo extraordinario, a razóns ben maiores que as que vos levaron a abandonarme. Razóns que me parecerían febles e non habería ningunha que conseguise xamais apartarme de vós. Sen embargo quixestes aproveita-los pretextos que encontrastes para volver a Francia: que un barco ía partir; ¿por que non deixalo partir?; que a vosa familia vos escribira; ¿non sabéde-lo acoso que eu sufrín por parte da miña?; que o voso honor vos esixía abandonarme: ¿coidei eu do meu?; que estabades obrigado a ir servir ó voso rei; se todo o que din del é certo, non ten necesidade do voso auxilio e seguro que vos desculparía.

Sería demasiado feliz se pasasémo-la vida xuntos; mais, xa que era preciso que unha cruel ausencia nos separase, paréceme que debo estar tranquila por non ter sido infiel; por nada do mundo quixera cometer acción tan depravada.

¿Como coñecendo o fondo do meu corazón e do meu cariño puidestes decidirvos a deixarme para sempre e a expoñerme ós terrores que debo sufrir ó pensar que só vos lembrades de min para me sacrificar a unha nova paixón?

Ben vexo que vos amo enlouquecidamente. Sen embargo non me queixo da violencia dos arroubos no meu corazón; voume afacendo ós seus tormentos; xa non podería vivir sen ese pracer que descubro e do que gozo amándovos no medio de miles de dores.

Pero perséguenme constantemente, sendo para min desagradables en extremo, o odio e o desprezo que sinto por tódalas cousas. A miña familia, os meus amigo, este convento, todo me é insoportable. Todo o que estou obrigada a ver e todo o que teño que facer por absoluta necesidade éme odioso. Sinto celos da miña paixón ata o punto de parecerme que tódalas miñas accións e tódolos meus deberes vos atinxen.

Si, sinto escrúpulos se non vos dedico tódolos momentos da miña vida. ¿Que faría eu, pobre de min, sen tanto odio e sen tanto amor como os que enchen o meu corazón? ¿Poderei sobrevivir a aquilo que me ocupa incansablemente, para levar unha vida tranquila e sosegada? Tal baleiro e tal insensibilidade non me conveñen.

Todo o mundo decatouse do forte cambio do meu humor, das miñas maneiras e da miña persoa. A miña nai faloume diso, primeiro con aspereza, despois con certa bondade. Xa nin sei o que lle respondín; creo que lle confesei todo.

As relixiosas máis severas compadécense do estado no que estou, mesmo lles inspira certa consideración e certo respecto por min. Todo o mundo está conmovido co meu amor; só vós permanecedes nunha profunda indiferencia, sen escribirme máis que frías cartas, cheas de cousas xa ditas; a metade do papel vén en branco e dá a groseira sensación de que morredes de ganas de velo acabado.

Dona Brites presionoume estes días pasados para facerme saír do meu cuarto e, crendo que me divertía, levoume a pasear ata o miradoiro dende onde se ve Mertola. Seguina, e de súpeto golpeoume unha lembranza cruel que me fixo chorar todo o resto do día. Tróuxome de novo ó convento e deiteime na cama; nela reflexionei moito tempo sobre a pouca esperanza que teño de curarme algún día. O que fan para me consolar, aumenta a miña dor, e ata nos remedios atopo particulares razóns para me aflixir.

Vinvos moitas veces pasar por este lugar cun aire que me enfeitizaba; nese miradoiro estaba eu o día fatal no que comecei a senti-los primeiros efectos da miña desgraciada paixón.

 

Pareceume que me queriades agradar, aínda que non me coñecesedes. Convencinme de que me diferenciariades de tódalas que estaban comigo, e imaxinei que, cando vos detiverades, alegraríavos que eu vos vise mellor e que admirase a vosa destreza e a vosa gracia cando montabáde-lo voso cabalo. Apoderábase de min un certo temor cando o faciades pasar por un lugar difícil; en definitiva, interesábame secretamente por tódalas vosas accións, sabía ben que non me erades indiferente e tomaba como meu canto vós faciades.

Demasiado ben sabedes como seguiron estes comezos, e anque nada teño que ocultar, non debo escribírvolos por medo a facervos máis culpable, se é posible, do que xa sodes, e por ter que reprocharme tantos esforzos inútiles para obrigarvos a serme fiel.

Vós non o seredes de ningunha maneira ¿podo agardar das miñas cartas e dos meus reproches aquilo que o meu amor e a miña entrega non puideron sobre a vosa ingratitude?

Demasiado segura estou da miña desgracia; o voso inxusto proceder non deixa a máis mínima razón para a dúbida; debo temelo todo posto que me abandonastes.

¿Acaso teredes só encantos para min e non pareceredes agradable ós ollos dos outros? Creo que non me desagradaría que os sentimentos dos demais xustificasen, dalgunha maneira, os meus, e quixera que tódalas mulleres de Francia vos achasen adorable, pero que ningunha vos amase, que ningunha vos pracese; este proxecto é ridículo e imposible; sen embargo, abondo comprobei que a penas sodes capaz de ser demasiado constante; ben poderedes esquecerme sen ningunha axuda e sen sentirvos forzado por unha nova paixón. ¿Quizais quixera eu que tivesedes algún pretexto razoable? É verdade que eu sería máis infeliz, pero vós non seriades tan culpable.

Ben vexo que quedaredes en Francia sen grandes praceres, con total liberdade. ¿A fatiga dunha longa viaxe, un mínimo de decencia e o temor a non responder ós meus arrebatos é o que vos reteñen? ¡Ah! ¡non teñades medo de min! Contentareime con vervos de cando en cando e con saber que vivimos no mesmo lugar. Pero tal vez eu me engane, e poida que vos conmova máis o rigor e a severidade doutra do que vos conmoveron os meus favores. ¿Será posible que vos deixedes acender por malos tratos? Pero antes de vos comprometer a unha gran paixón, pensade ben no exceso das miñas dores, na incerteza dos meus proxectos, na diversidade dos meus arroubos, na extravagancia das miñas cartas, as miñas confianzas, nos meus desesperos, nos meus desexos, nos meus celos! ¡Ah! ¡Ides convertervos nun desgraciado!; ¡aconséllovos que aproveitéde-lo estado no que me atopo e que, polo menos, o que sufro por vós non vos sexa inútil!

Hai cinco ou seis meses que me fixestes unha inoportuna confidencia: confesástesme abertamente que amarades a unha dama no voso país; se ela vos impide volver, dicídemo sen contemplacións, para que eu non me siga consumindo. Aínda me mantén un vestixio de esperanza, pero non me importaría perdela de todo e mesmo perderme eu, se esta non vai ter continuidade. Enviádeme o seu retrato con algunha das súas cartas e escribídeme todo o que ela vos di. Tal vez encontre nisto razóns para me consolar, ou para me aflixir aínda máis. Non podo continuar por máis tempo no estado no que estou; non haberá cambio que non me sexa favorable.

Quixera tamén ter un retrato do voso irmán e da vosa cuñada; todo o que é algo para vós é ben querido por min; son enteiramente devota de todo o que vos afecta: non dispoño de min mesma. Hai momentos nos que me parece que tería a suficiente submisión para servir a aquela que amades.

Os vosos malos tratos e o voso desprezo abatéronme de tal xeito que, ás veces, nin sequera son quen de pensar que podería ter celos sen incomodarvos, e seméllame que fago o peor mal do mundo cando vos reprocho algo. Moitas veces ata me convenzo de que non debo de ningún modo manifestarvos con tanta intensidade como o fago, sentimentos que vós desaprobades.

Hai moito tempo que un oficial agarda a vosa carta; estaba decidida a escribila de forma que non vos desagradase cando a recibisedes; pero é demasiado extravagante, teño que acabala. ¡Ai! ¡Non está nas miñas mans decidirme a facelo!; paréceme que vos falo cando vos escribo e que me estades un pouco máis presente. A próxima non será tan longa nin tan inoportuna; poderás abrila e lela coa seguridade que vos dou. Verdade é que non debo falarvos dunha paixón que vos desagrada; non vos falarei máis dela.

Vai facer un ano, en poucos días, que me abandonei enteiramente a vós, sen reservas. A vosa paixón parecíame ben ardente e sincera, e nunca pensei que os meus favores vos desagradasen ata o punto de levarvos a facer cincocentas leguas e a expoñervos a naufraxios, para afastarvos deles. Nunca ninguén me tratara así.

Podedes lembrarvos do meu pudor, da miña confusión e da miña desorde, pero non vos lembrades do que vos comprometería a amarme, ó voso pesar.

O oficial que debe levarvos esta carta dime por cuarta vez que quere partir, ¡que impaciente! ¡Seguro que abandona a algunha infeliz neste país!

¡Adeus! Teño eu máis dificultades para rematar esta carta do que tivestes vós para me deixar, se cadra para sempre.

¡Adeus! Non me atrevo a darvos mil afectuosos nomes, nin a abandonarme sen límite a tódolos meus impulsos. Ámovos mil veces máis cá miña vida, e mil veces máis do que eu penso. ¡Como vos quero! e ¡como sodes cruel comigo! ¡Nunca me escribides!; aínda non podo evitar dicirvos todo isto. Vou volver empezar e o oficial marchará, pero ¿que importa que marche? Escribo máis para min que para vós; só procuro consolarme. Así, vaivos asusta-la extensión da miña carta; nin chegaredes a lela.

¿Que fixen eu para ser tan infeliz? ¿Por que envelenáste-la miña vida? ¿Por que non nacería eu noutro país?

¡Adeus! ¡perdoádeme! Non son quen de vos pedir que me amedes; ¡mirade ó que me reduciu o meu destino! Adeus.

V

 

Escríbovos por derradeira vez, e espero facervos saber, pola diferencia dos termos e do ton desta carta, que por fin me persuadistes de que xa non me amades e que polo tanto eu xa non debo amarvos máis. Devolvereivos, pois, polo primeiro medio todo o que aínda me resta de vós.

Non temades que vos escriba; non porei o voso nome no paquete. Encarguei a dona Brites de todos estes detalles, a quen eu acostumei a confidencias ben diferentes destas. Os seus coidados seranme menos sospeitosos cós meus; tomará tódalas precaucións necesarias para poder asegurarme de que vós recibíste-lo retrato e as pulseiras que me derades.

Quero, sen embargo, que saibades que me sinto, dende hai algúns días, en estado de queimar e de esnaquizar estes sinais do voso amor por min tan queridos, pero deixeivos ver tanta debilidade que nunca me creriades capaz de chegar a tales extremos. Desexo, pois, gozar de toda a dor que sinto ó me separar deles e transmitirvos, polo menos, algún resentimento.

Confésovos, para a miña vergonza e a vosa, que me achei moito máis suxeita a estas bagatelas do que quixera dicirvos, e que sentín de novo a necesidade de tódalas miñas reflexións para me desfacer de cada unha delas en particular, mesmo cando xa me gababa de non estar pendente de vós. Pero un acaba sempre por consegui-lo que desexa, sobre todo cando ten tantas razóns para facelo.

Puxen todo nas mans de dona Brites; ¡cantas bágoas me custou esta resolución! Despois de mil indecisións e de mil incertezas que non coñecedes, e das que, seguramente, non vos darei conta, rogueille que non me falase nunca máis delas, que nunca mas devolvese, aínda que eu llas pida para velas unha vez máis, e que volas envíe, en fin, sen dicirmo.

Só coñecín ben o exceso do meu amor cando quixen facer tódolos esforzos para curarme del, e temo que non ousaría intentalo se puidese prever tantas dificultades e tantas violencias. Estou convencida de que experimentaría sensacións menos desagradables amándovos, tan ingrato como sodes, que deixándovos para sempre. Comprobei que me erades menos querido cá miña paixón, e soportei indescritibles dores para combatela, despois de que o voso proceder inxurioso me convertese en odiosa a vosa persoa.

O orgullo propio do meu sexo non me axudou nada a tomar unha resolución contra vós ¡Ai! Soportei o voso desprezo, soportaría o voso odio e tódolos celos que me daría o interese que tivesedes por outra, polo menos tería algunha paixón que combater, pero a vosa indiferencia éme insoportable; as vosas impertinentes protestas de amizade e os ridículos cumprimentos da vosa última carta, fixéronme ver que recibistes tódalas que vos escribín, que non causaron no voso corazón ningunha emoción e que, sen embargo, as lestes. Ingrato, aínda estou o bastante tola como para desesperarme por non poder facerme ilusións de que non chegasen ata vós e de que non volas entregasen.

Detesto a vosa franqueza: ¿pedinvos eu que me dixerades sinceramente a verdade?, ¿por que non me deixáste-la miña paixón? O único que teriades que facer sería non escribirme; non buscaba ser esclarecida.

¿Non son xa ben desgraciada por non vos poder obrigar a ter algún coidado en enganarme e non verme máis en situación de vos escusar? Sabede que me decato de que sodes indigno de tódolos meus sentimentos, e que coñezo tódalas vosas maldades.

 

Sen embargo, se todo o que fixen por vós pode merecer que teñades unha mínima consideración polos favores que vos pido, rógovos que non me escribades máis e que me axudedes a esquecervos totalmente. Se me desedes probas, por pequenas que fosen, de que sentistes algún pesar ó lerdes esta carta, quizais vos crese; e quizais tamén a vosa confesión e o voso consentimento provocasen en min aflicción e rabia, e todo isto podería acenderme de novo.

Xa que logo, non vos metades na miña vida, sen dúbida botariades por terra tódolos meus proxectos, calquera que fose a maneira na que quixerades entrar nela.

Nada quero saber do resultado desta carta; non perturbéde-lo estado que preparo para min; paréceme que podedes estar contento cos males que me causades calquera que sexa o proxecto que planeades para facerme desgraciada.

Non me apartedes desta miña incerteza; co tempo, espero transformala nunha certa tranquilidade.

Prométovos non vos odiar; desconfío demasiado dos sentimentos violentos como para atreverme a facelo.

Estou convencida de que tal vez encontrase neste país un amante mellor e máis fiel; pero ¡ai! ¿quen poderá darme o amor? ¿Chegarame a paixón doutro amante para me encher? ¿Conseguiu a miña algo convosco? ¿Non comprobei eu que un corazón entenrecido xamais esquece aquilo que lle fixo descubrir impulsos que non coñecía e dos que era capaz? ; ¿que todas estas emocións están ligadas ó ídolo que el se formou?; ¿que as súas primeiras ideas e as súas primeiras feridas non poden ser nin borradas nin curadas?; ¿que tódalas paixóns que veñen ó seu auxilio e que fan esforzos por enchelo e contentalo, en van lle prometen un sentimento que nunca máis volve encontrar? ¿Que tódolos praceres que busca sen ningunha gana de os atopar, só lle serven para facerlle ben saber que nada lle é tan querido como a lembranza das súas dores?

¿Por que me fixestes coñece-la imperfección e o desencanto dun afecto que non debe durar eternamente e as penas que implica un amor violento cando non é recíproco? E ¿por que a miúdo se unen unha inclinación cega e un cruel destino para determinarnos por aqueles que serían máis sensibles a calquera outro amor?

Aínda que puidese esperar algunha distracción nun novo compromiso e encontrase a alguén de boa fe, sinto por min tanta compaixón que tería escrúpulos en poñer, mesmo ó máis ínfimo dos homes do mundo, no estado ó que me reducistes; e aínda que non estou obrigada a ter consideración convosco, non podería decidirme a exercer sobre vós unha vinganza tan cruel, aínda cando, por calquera imprevisible cambio, dependese de min.

Neste momento busco o xeito de escusarvos, e ben comprendo que unha relixiosa, polo xeral, non soe ser amada. Sen embargo, paréceme que se somos capaces de razoar sobre as escollas que facemos, habería motivos para preferilas a outras mulleres: nada lles impide pensar constantemente na súa paixón, non as distraen as mil cousas que no mundo disipan e ocupan. Paréceme que non é moi agradable ver a aquelas que se ama sempre distraídas por mil bagatelas e hai que ter pouca sensibilidade para soportar, sen desesperarse, que falen só de reunións, de vestidos ou de paseos. Estamos sempre expostos a novos celos; elas vense obrigadas a atencións, a compracencias, a conversacións; ¿quen pode asegurar que non senten ningún pracer nesas ocasións, e que soportan sempre ós seus homes cun extremo desagrado e sen consentimento algún? !Ah! ¡como deben desconfiar dun amante que non lles pide conta exacta de todo isto, que cre facilmente e sen inquietude o que elas lle din, e que as ve con toda confianza e tranquilidade, suxeitas a todos estes deberes!

Pero non pretendo convencervos con boas razóns de que debades amarme; son medios ruíns: outros moito mellores empreguei e nada conseguín. Coñezo demasiado ben o meu destino como para intentar forzalo. Serei unha desgraciada toda a vida; ¿non o era xa véndovos tódolos días?

Morría co temor de que non me fosedes fiel; quería vervos en todo momento, e isto non era posible; atormentábame o perigo que corriades ó entrardes no convento; non vivía cando estabades en combate, e desesperábame por non ser máis fermosa e máis digna de vós; maldicía a mediocridade da miña condición e pensaba moitas veces que o afecto que parecía me tiñades podería traervos algún desgusto; semellábame que non vos amaba o suficiente; temía a cólera dos meus para con vós; encontrábame, en fin, nun estado tan deplorable como no que me encontro agora.

Se me desedes algunha proba da vosa paixón dende que xa non estades en Portugal, tería feito tódolos esforzos para saír de aquí; mesmo me disfrazaría para ir ó voso encontro. ¡Ai! ¿que sería de min se non vos ocupasedes de min cando estivese en Francia? ¡Que despropósito! ¡Que loucura! ¡Que cúmulo de vergonza para a miña familia, que me é tan querida dende que xa non vos amo.

Ben vedes como coñezo, friamente, que era posible que eu fose aínda máis digna de mágoa do que son; e estouvos a falar, polo menos unha vez na vida, sensatamente. ¡Como vos agradará a miña moderación e que contento estaredes de min!; pero eu non quero sabelo de ningunha maneira; xa vos roguei que non me escribirades máis, e suplícovolo de novo.

¿Nunca reflexionastes sobre a maneira en que me tratabades? ¿Nunca pensastes que estabades máis comprometido comigo que con calquera outra persoa do mundo? Ameivos como unha tola; ¡canto desprezo sentín por todo!

O voso proceder non é, en absoluto, o dun home honesto; tivestes que sentir por min unha aversión natural, xa que non me amastes perdidamente.

Deixeime engaiolar por facultades ben mediocres. ¿Que fixestes que puidese agradarme? ¿Que sacrificios fixestes por min? ¿Acaso non buscastes outros mil praceres? ¿Renunciastes ó xogo e á caza? ¿Non fóste-lo primeiro en marchar para o combate? ¿Non regresastes despois de tódolos demais? Nel expuxéstesvos aloucadamente, anque vos rogara que vos coidasedes por amor a min. Non buscáste-los medios para vos instalar en Portugal, onde erades estimado; abondou unha carta do voso irmán para facervos partir, sen dubidalo un momento. E ¿acaso non souben eu que durante a viaxe gozastes do mellor humor do mundo? Teño que confesar que me vexo obrigada a odiarvos mortalmente.

¡Ah! Son eu a responsable de tódalas miñas desgracias: primeiro acostumeivos a unha gran paixón, con demasiada sinceridade, e é preciso botar man de artificios para se facer amar; hai que buscar con certa habilidade os medios para o acender, pois o amor, por si só non xera amor.

Queriades que vos amase, e como vos formastes este propósito, non houbo nada que non fixerades para conseguilo; mesmo vos decidiriades a amarme se fose necesario; pero decatástesvos de que podiades triunfar na vosa empresa sen paixón, que non a precisabades.

¡Que perfidia! ¿Credes que me puidestes enganar impunemente? Se algún azar vos trouxer a este país, asegúrovos que vos entregarei á vinganza dos meus.

Vivín por moito tempo nun abandono e nunha idolatría que me horrorizan, e o meu remorso perségueme cunha violencia insoportable; sinto vivamente a vergonza dos crimes que me fixestes cometer, e xa non sinto ¡ai! a paixón que me impedía coñecérlle-la súa enormidade.

 

¿Cando o meu corazón deixará de estar esnaquizado? ¿Cando me verei libre deste cruel desconcerto?

Sen embargo creo que non vos desexo ningún mal, e que me decidiría a consentir que fosedes feliz; pero, ¿como poderiades selo se tedes un nobre corazón?

Quero escribirvos outra carta para amosarvos que, quizais, dentro dalgún tempo estea máis tranquila. ¡Que pracer vou sentir cando poida reprochárvo-lo voso inxusto proceder despois de que xa non estea tan vivamente afectada, e cando vos faga saber que vos desprezo, que falo con grande indiferencia da vosa traizón, que esquecín tódolos meus praceres e toda a miña dor; e que só me lembro de vós cando quero!

Sigo pensando que tedes grandes avantaxes sobre min e que en min espertastes unha paixón que me fixo perde-la razón; pero pouco podedes vangloriarvos diso: eu era nova, inxenua, encerráranme neste convento dende a miña infancia, só tiña visto xente desagradable e nunca escoitara os afagos que vós, sen cesar, me dirixiades. Parecíame que a vós debía os encantos e a beleza que encontrabades en min, e que me faciades ver; oía falar ben de vós, todo o mundo me falaba no voso favor, faciades todo o preciso para provoca-lo meu amor.

Pero, finalmente, recupereime deste feitizo; fóstesme de gran axuda e, confeso, necesitábao en extremo.

Cando vos devolva as vosas cartas, gardarei coidadosamente as dúas últimas que me escribistes, e lereinas aínda con máis frecuencia do que lin as primeiras, a fin de non caer de novo nas miñas debilidades. ¡Ah! ¡Que caras me resultan e que feliz sería se quixesedes permitir que eu vos amase sempre!

Ben vexo que aínda estou demasiado obsesionada cos meus reproches e a vosa infidelidade; pero lembrade que me prometín a min mesma un estado máis sosegado e a el chegarei, ou tomarei contra min algunha resolución extrema, que seguro vós coñeceredes sen gran pesar; pero non quero nada máis de vós.

Son unha tola por repetir tantas veces as mesmas cousas. Debo deixarvos e non volver pensar en vós; mesmo creo que non vos volverei escribir. ¿Acaso estou obrigada a darvos conta exacta de tódolos meus afáns?

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2000
© da tradución Teresa Grande Piñeiro