|
Cangara coas
miles de inxurias de Fortunato o mellor que puidera, mais cando se atreveu a
insultarme, xurei vingarme.
Vós, que tan ben coñecéde-la natureza da miña alma, non pensaredes que
expresei con palabras a máis lixeira ameaza. Co tempo acadaría a miña vinganza, esa
decisión xa estaba tomada, pero a mesma determinación coa que me decidira excluíra
calquera idea de risco. Non se trataba
só de castigar, senón que tiña que facelo con impunidade. Unha ofensa queda sen
reparar cando o castigo se volve na contra do vingador, ou cando este non logra
facerlle sabe-la súa condición ó causante da aldraxe. Cómpre saber
que Fortunato non podía sequera dubidar da miña boa vontade, xa que non lle
dera ocasión para facelo, mediante palabras ou feitos. O meu costume de sorrirlle cando o vía
continuaba, mais el non se decataba de que o facía ó imaxina-la súa inmolación. O devandito
Fortunato tiña un punto fraco, aínda que polo demais era un home respectado e
mesmo temido. Gabábase de ser un experto en viño. Poucos italianos teñen o
talento dun auténtico catador de viños. Na maioría dos casos, o seu entusiasmo
adáptase ó tempo e á ocasión necesarias para enganar mediante imposturas ós
millonarios austríacos e británicos. No tocante á pintura e ás alfaias,
Fortunato, ó igual cós seus compatriotas, era un auténtico lingoreteiro; cando
se trataba de viños anellos, dicía a verdade. Neste sentido non me diferenciaba
del substancialmente; de feito eu era un bo coñecedor dos viños italianos, e
comprábaos a moreas cando podía. Foi cara ó
solpor dun día, na loucura suprema do entroido, cando atopei ó meu amigo. Abordoume con excesiva amabilidade, debido a
que bebera demasiado. O pobre ía disfrazado de bufón. Levaba un traxe moi
cinguido con listas de varias cores, e a cabeza coroada cun chapeu en forma
cónica ornamentado con axóuxeres. Estaba
tan contento de velo que non vía o final daquel estreitamento de mans. -Meu querido Fortunato -díxenlle-, xusto a
persoa que andaba a buscar.
Ten vostede moi bo aspecto hoxe. Verá, o caso é que recibín un bocoi dun
suposto amontillado, e a verdade é que teño as miñas dúbidas. -¿Como? -respondeu-. ¿Amontillado? ¿Un bocoi? ¡Imposible! ¡En pleno entroido! -Teño as miñas dúbidas -respondín-, e fun tan
parvo que paguei aquel prezo polo amontillado sen sequera consultalo
con vostede.
Non o atopei
por ningures, e tiña medo de estar desprezando unha ganga. -¡Amontillado! -Teño as miñas dúbidas. -¡Amontillado! -E debo aclaralas. -¡Amontillado! -Como vexo que está ocupado,
consultareino con Luchresi.
Se hai alguén que saiba disto, é el. Saberá dicirme… -Luchresi non podería diferencia-lo
amontillado do xerez. -E sen embargo algúns idiotas pensan que
o seu gusto é equiparable ó de vostede. -Veña, imos aló. -¿Onde? -Non, meu amigo. Non quero aproveitarme
da súa amabilidade. Coido que ten vostede algún compromiso. Luchresi... -Non estou ocupado. Veña. -Non, meu amigo,
non se trata só do compromiso. Polo que vexo padece vostede un grave
arrefriado, e as bodegas son terriblemente húmidas. Están recubertas
de salitre. -Tanto ten,
imos aló.
Este arrefriado
é pouca cousa.
¡Amontillado! Seica o estafaron.
E respecto
de Luchresi, ese non é capaz de distinguir entre o xerez e o amontillado. Dicindo isto, Fortunato colleume do
brazo. Púxenme unha máscara de seda negra e, cinguindo a miña capa, deixei que
me levara canda o meu palacio. Os serventes non estaban na casa, pois
fuxiran para se divertir celebrando o entroido. Dixéralles que non volvería ata a mañá
seguinte, e déralles ordes explícitas de non andar alborotando pola casa. Estaba seguro de
que, cos meus mandatos, liscarían todos de contado en saíndo eu pola porta. Collín dous fachos dos seus apliques e,
dándolle un a Fortunato, conducino a través dos diversos cuartos ó pasadizo que
levaba ás bodegas. Baixei por
unha longa e sinuosa escaleira, pregándolle que tivese coidado mentres me
seguía. Finalmente
chegamos ó pé da escaleira, e ficamos no húmido chan das catacumbas dos
Montresor. O meu amigo camiñaba con paso
vacilante, e os axóuxeres do seu chapeu tintinaban a cada paso. -O bocoi -dixo. -Está máis lonxe
-respondín-, mais observe eses fíos brancos que brillan
nas paredes desta gruta. Volveuse canda min, e fitoume con ollos
embazados, que destilaban as bágoas producidas pola embriaguez. -¿Salitre? -preguntou finalmente. -Salitre -respondín. ¿Hai moito que ten
vostede esa tose? -¡Ehem! ¡Ehem!
¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem!
¡Ehem! ¡Ehem! ¡Ehem! -o coitado do meu amigo
non foi quen de falar durante un anaco. -Non é nada
-dixo por fin. -Veña -díxenlle con firmeza-, regresemos. A súa saúde é sagrada. É
vostede rico, respectado, admirado, querido... En definitiva, é feliz,
como o era eu antes. A xente necesítao; polo que a min respecta, tanto
ten: retornaremos. Corre perigo de enfermar, e non quero se-lo responsable.
Ademais, Luchresi... -¡Abonda! -dixo-. Esta tose
non é nada, non me vai matar. Non vou morrer por unha tose. -Certo, certo
-respondín-. Non era a
miña intención alarmalo innecesariamente, mais debe ser cauteloso. Un
grolo deste Médoc protexerao contra a humidade. E dicindo isto partín o colo dunha
botella que sacara dunha longa fila de Médocs que xacían sobre a carriza. -Beba -díxenlle, ofrecéndolle o viño. Levou a botella ós beizos mirándome de
esguello. Vacilou e
asentiu con confianza, ó tempo que tintinaban os seus axóuxeres. -Brindo -dixo- polos mortos
que repousan entre nós. -E eu brindo
por que teña vostede unha longa vida. Volveu collerme do brazo e continuamos. -Estas bodegas
-afirmou- sonche ben grandes. -A Montresor
-respondinlle- era unha familia
grande e numerosa. -¿Como eran
as súas armas? -Un grande pé
de ouro, nun campo azur. O pé esmaga unha serpente rampante cos seus
cabeiros cravados no talón. -¿E o lema? -Nemo me impune
lacessit
[1]
. -¡Moi ben! -sentenciou. O viño escintilaba
nos seus ollos e os axóuxeres tintinaban. A miña propia fantasía aumentou co Médoc. Despois de pasar a
través de longos muros formados por esqueletos, mesturados con bocois e toneis,
chegamos ós lugares máis recónditos das catacumbas. Detívenme de novo, mais esta vez ousei
coller do brazo a Fortunato, por riba do cóbado. -¡O salitre!
-exclamei-. Mire, cada
vez é máis abundante, pendurado como se fose brión. Estamos por embaixo
do leito do río. As gotas producidas pola humidade discorren polos seus
osos. Veña, temos que volver antes de que sexa demasiado tarde. A súa
tose... -Non é nada
-respondeu-, sigamos.
Pero antes outro grolo do Médoc. Rompín un botellón de De Grave e
paseillo. Chimpouno
nun momento. Riu e
guindou a botella cara arriba cun xesto que non puiden comprender. Olleino abraiado. Repetiu o
movemento... sen dúbida grotesco. -¿Non o comprende?
-dixo. -Non -respondín. -Logo non pertence
vostede á irmandade. -¿Como? -Non é vostede
un masón. -Si, si -afirmei-. Son. -¿Vostede? ¡Imposible!
¿Un masón? -Un masón -respondín. -Un sinal -dixo-, un sinal. -Este -díxenlle, sacando unha paleta de embaixo
do meu roquelaure. -Seica bromea -exclamou, retrocedendo uns pasos-. Deixémonos de lerias e vexamos ese amontillado. -De acordo -dixen, gardando a ferramenta por dentro
da capa e ofrecéndolle de novo o meu brazo. Apoiouse pesadamente e continuamos
a nosa ruta na busca do amontillado. Despois de pasar por unha serie
de arcos baixos, descendemos, continuamos o noso camiño e, descendendo
de novo, chegamos a unha profunda cripta. O aire estaba tan viciado
que os nosos fachos refulxían no canto de arder. O
extremo máis arredado da cripta conducía a outra menos espaciosa. As paredes
estaban cubertas de restos humanos, amontoados no alto da bóveda, ó estilo das
grandes catacumbas de París. Tres lados desta cripta interior levaban eses
adornos. No cuarto lado os osos foran arrebolados, e xacían a moreas no chan,
formando nunha parte un montón de certa altura. Dentro da parede que quedara ó
descuberto polo desprazamento dos osos, descubrimos un recuncho silencioso.
Tiña máis dun metro de profundidade, un metro escaso de largo e dous metros de
altura. Non parecía ser construído para ningún uso en particular, senón que
facía de simple descanso entre os dous enormes piares que sostiñan o teito das
catacumbas, e estaba apoiado por unha das paredes de sólido granito que o
rodeaban. Fortunato
tratou en balde de penetrar na profundidade daquel recuncho, levantando o facho
a piques de se consumir. A súa feble luz non nos permitía discernir con
claridade. -Entre vostede -dixen-, o amontillado
está aquí dentro. Respecto de Luchresi... -É un ignorante -interrompeume o meu amigo. Avanzaba vacilante comigo xusto
detrás del. Chegou ó outro extremo
do nicho nun momento, mais ó atopar unha roca que se poñía no camiño,
ficou perplexo coma un idiota. Tan só un intre despois xa o encadeara
ó granito. Na súa superficie había dúas argolas de ferro, separadas
horizontalmente por medio metro. Dunha delas saía unha pequena cadea,
da outra un cadeado. Unha vez rodeado o seu van, foi cousa de segundos
suxeitalo. Estaba demasiado abraiado para se resistir. Collín a chave
e retrodecín para saír do recuncho. -Pase a súa man pola parede -díxenlle- e poderá sentir
o salitre. Verá que húmida está. Prégolle de novo que volvamos. ¿Non?
Daquela véxome obrigado a abandonalo. Pero déixeme ocuparme de vostede
como se merece. -¡O amontillado! -exclamou o meu amigo, que non daba saído do seu asombro. -Abofé -respondín-, o amontillado. E dicindo isto,
ocupeime do montón de osos dos que falara anteriormente. Boteinos a un lado e
descubrín unhas cantas pedras para construcción e morteiro. Con estes materiais
e a axuda da miña paleta, comecei a amurallar a entrada do nicho. Inda non
rematara de poñer a primeira ringleira cando me decatei de que a ebriedade de
Fortunato esvaecera en grande medida. O primeiro indicio foi un choro
procedente do fondo do recuncho. Non era o pranto dun borracho. Produciuse
un silencio longo e pertinaz. Coloquei a segunda ringleira, e a terceira, e a
cuarta… Foi entón cando oín as fortes vibracións provocadas polas cadeas. O
ruído durou varios minutos, durante os cales, para deleitarme, interrompín o
meu labor e senteime nos osos. Cando o rechío esvaeu, volvín colle-la paleta e
rematei sen interrupción a quinta, sexta e sétima ringleira. O muro estaba a
piques de chegar á altura do meu peito. Volvinme deter e, sostendo o facho por
riba do meu traballo de albanelería, apuntei con este á figura que se
encontraba no interior. A sucesión de
berros intensos e arrepiantes que saían da gorxa do encadeado parecían facerme
recuar por un momento. Vacilei un instante, aterecido. Desenvaiñei
o meu estoque e metino polo oco do muro, mais abondou un intre de reflexión
para calmarme. Toquei a sólida estructura das catacumbas e respirei aliviado.
Acerqueime de novo ó muro, respondín ós berros de aquel que clamaba. Repetín o
que el dicía, ofrecinlle a miña axuda, berraba máis forte e máis alto. Ó facer
isto, o queixoso foi calando. Xa era
medianoite, e estaba a piques de rematar a miña tarefa. Completara a oitava,
novena e décima ringleira e acabara unha parte da undécima e última, só faltaba
por poñer unha pedra. O peso dábame problemas, púxena parcialmente na súa
posición de destino. Do interior do nicho xurdiu entón un lixeiro riso que
me puxo a pel de galiña. Seguiulle unha voz triste, na que recoñecín con
dificultades ó nobre Fortunato. A voz dicía: -¡Ha, ha, ha!, ¡he, he, he!, unha broma moi boa, unha chanza
excelente. Escacharemos coa risa cando esteamos no palacio, ¡he, he,
he!, mentres bebemos viño, ¡he, he, he! -O amontillado! -dixen. -¡He, he, he! ¡He,
he, he! Si, o amontillado.
¿Pero non se está a facer tarde? ¿Non estarán esperando por nós no palacio,
a señora Fortunato e os demais? Será mellor que marchemos. -Si -dixen-, marchemos. -¡Polo amor de Deus, Montresor! -Si -respondín-, ¡polo amor de Deus! Mais
ninguén respondeu a estas palabras. Agardei en van por unha resposta.
Impacienteime. Chameino en voz alta… -¡Fortunato! Non
houbo resposta. Volvín chamalo. -¡Fortunato! Tampouco houbo
resposta. Introducín un facho pola abertura restante e deixeino caer dentro. O
tintineo dos axóuxeres foi a única contestación. Sentía unha dor no corazón,
causada pola humidade das catacumbas. Bulín para remata-lo traballo. Conseguín
coloca-la derradeira pedra no seu sitio e revoqueina. Volvín apiña-la vella
muralla de osos contra a nova albanelería. Durante medio século ningún mortal a
molestou. In pace requiescat![2] FIN |