|
Unha das súas veciñas, dama de calidade, tiña dúas fillas moi feitas. El pediulle unha en matrimonio, e deixouna que escollese a que lle quixese dar. Ningunha das dúas o quería e mandábao unha onda a outra, pois non se resignaban a aceptar un home que tivese a Barba Azul. Pero o que aínda lles desagradaba máis era que el xa casara con varias mulleres, e non se sabía qué fora delas. O Barba Azul, para coñecérense, levounas coa súa nai e tres ou catro das súas mellores amigas, mais algunha xente nova da veciñanza, a unha das súas casas de campo, onde permaneceron oito días enteiros. Todo eran paseos, partidas de caza e pesca, bailes e festíns, refeccións: non durmían nada, e pasaban toda a noite a facérense bromas uns ós outros; todo ía tan ben que a máis nova deu en pensar que o dono da casa non tiña xa a barba tan azul, e que era un home moi honesto. En canto regresaron á cidade, celebrouse o casorio. Ó cabo dun mes o Barba Azul díxolle á muller que tiña a obriga de facer unha viaxe fóra da cidade, de seis semanas polo menos, por un asunto de importancia; que lle rogaba que se divertise durante a súa ausencia, que convidase ás súas mellores amigas, que as trouxese ó campo se quería, que comese a fartar. Velaquí tendes díxolle as chaves dos dous gardamobles grandes, estas son as da vaixela de ouro e prata que non é a decote, estoutras as das miñas caixas fortes, onde gardo o ouro e a prata, as dos cofres onde están as pedras preciosas, e velaquí a chave mestra de tódalas dependencias. Estoutra chaviña é a do cuarto de abaixo: abride o que queirades, andade por onde queirades, pero a ese pequeno gabinete, prohíbovos terminantemente entrar, e prohíbovolo de tal maneira que, se se vos ocorre abrilo, podedes temer o peor da miña cólera. Ela prometeu cumprir exactamente todo o que acababa de serlle ordenado; e el, despois de apertala entre os brazos, sobe á carroza, e parte para a súa viaxe As veciñas e as amigas non esperaron pola invitación para achegárense pola casa da recentemente casada, estaban moi impacientes por ver tódalas riquezas da súa casa, e non foran quen de vir mentres estaba o home, por mor da súa Barba Azul que lles daba medo. Velaí as tendes agora a percorrer os cuartos, os gabinetes, os roupeiros, cada un máis fermoso e máis rico có anterior. Subiron despois ós gardamobles, onde non daban admirado a cantidade, a variedade e a beleza das tapicerías, os leitos, os sofás, os escritorios, os veladores, as mesas e os espellos, nos que se podían ver desde os pés ata a cabeza, uns con marcos de cristal, outros de prata e de prata dourada; eran os máis belos e os máis magníficos que se viran xamais. Non paraban de esaxerar e de envexar a boa fortuna da súa amiga, quen, sen embargo, non se divertía nada vendo todas esas riquezas, por culpa da impaciencia que tiña de ir abrir o gabinete do cuarto de abaixo. Estaba tan comesta pola curiosidade, que, sen considerar a descortesía de abandonar a súa compaña, baixou por unha escaleiriña secreta, e con tanta precipitación que houbo quebrar o pescozo dúas ou tres veces. Cando chegou á porta do gabinete, detívose un anaco, matinando na prohibición que lle fixera o seu home, e coidando que podería acontecerlle algunha desgracia por ter sido desobediente; mais a tentación era tan forte que non puido resistila: Pegou, pois, na chaviña, e abriu tremendo a porta do gabinete. Ó principio non viu nada, porque as fiestras estaban fechadas; de alí a un pouquiño comezou a ver que o chan estaba todo cuberto de sangue callado, e que nese sangue se reflectían os corpos de varias mulleres mortas e atadas ó longo das paredes (eran tódalas mulleres coas que casara o Barba Azul e que degolara unha tras outra). Houbo morrer de medo, e a chave do gabinete, que acababa de retirar da fechadura, caeulle da man. Despois de ter recuperado un pouco os folgos, recolleu a chave, volveu fechar a porta e subiu ó seu cuarto para repoñerse algo; pero non o daba feito, de tan abraiada que estaba. Decatouse de que a chave do gabinete estaba luxada de sangue, secouna dúas ou tres veces, mais o sangue non daba desaparecido; por máis que a lavase, e mesmo que a refregase con area e con xabre, sempre quedaba algo de sangue, pois a chave estaba enfeitizada e non había maneira humana de limpala: cando quitaba o sangue dun lado aparecía no outro. O Barba Azul volveu da súa viaxe esa mesma noite, e dixo que lle chegaran cartas no camiño onde lle comunicaban que o asunto polo que partira acababa de arranxarse ó seu favor. A súa muller fixo todo o que puido para testemuñarlle a súa ledicia polo seu regreso anticipado. O día seguinte pediulle as chaves, e ela deullas, pero tremíalle tanto a man que o outro logo adiviñou todo o que pasara. ¿A que se debe díxolle que a chave do gabinete no estea coas outras? É posible dixo ela que a deixase arriba encol da mesa. Non se vos pase dixo o Barba Azul devolverma deica pouco. Despois de varias demoras, houbo que traer a chave. O Barba Azul, cando a viu , díxolle á muller: ¿Por que ten sangue esta chave? Eu non sei nada respondeu a pobre muller, máis pálida cá morte. Non sabedes nada retrucou o Barba Azul. Ben volo sei eu; ¡quixestes entrar no gabinete! Pois ben, señora, habedes entrar, e habedes ir ocupar o voso lugar a carón das damas que vistes. Arroxouse aos pés do seu home, dando probas dun verdadeiro arrepentimento por non o obedecer. Ata un penedo se apiadaría dela, bela e aflixida como estaba; mais o Barba Azul tiña o corazón máis duro ca un penedo. Ides morrer, miña señora díxolle, e axiña. Xa que vou morrer respondeulle, ollándoo cos ollos engradados de bágoas, dádeme un pouquiño de tempo para facer as miñas oracións. Douvos medio cuarto de hora respondeu o Barba Azul, pero nin un segundo máis. Cando quedou soa, chamou á súa irmá e díxolle: Irmá Ana que así se chamaba, sube, suplícocho, ó alto da torre, a ver se veñen dunha vez os meus irmáns; prometéronme que me virían ver hoxe, e se os ves, failles sinais para que se dean présa. A irmá Ana subiu ó alto da torre, e a pobre aflixida berráballe de cando en vez: Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén? E a irmá Ana respondíalle: Non vexo máis que o sol poeirar e a herba verdear. Mentres tanto o Barba Azul, brandindo un gran coitelo na man, berraba con tódalas súas forzas á súa muller: Baixa axiña, ou subirei eu. Un momentiño, por favor respondíalle a muller; e coa mesma exclamaba baixiño: Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén? E a irmá Ana respondíalle: Non vexo máis que o sol poeirar e a herba verdear. Baixa logo dunha vez berraba o Barba Azul, ou subirei eu. Xa vou respondía a muller, e despois exclamaba: Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén? Vexo respondeu a irmá Ana unha gran poeira que vén de cara aquí. ¿Son os meus irmáns? Infelizmente non, irmá, é un rabaño de carneiros. ¿Non queres baixar ou ...? berraba o Barba Azul. Un momentiño respondeu a súa muller; e despois berraba: Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén?" Vexo respondeu dous cabaleiros que veñen de cara aquí, mais aínda están ben lonxe... ¡Loado sexa Deus! exclamou de alí a pouco, son os meus irmáns; fágolles tantos sinais como podo para que se dean présa. O Barba Azul púxose a berrar tan forte que toda a casa tremeu. A pobre muller baixou, e foise botar ós seus pés toda desconsolada e toda espeluxada. Non che vale de nada dixo o Barba Azul, vas morrer. Despois colléndoa cunha man polos cabelos, e levantando o coitelo no aire coa outra, ía rebandarlle o garneato. A pobre virou cara el, e véndoo con ollos moribundos, pregoulle que lle dese un momentiño para recompoñerse. Non, non dixo, encoméndate ben a Deus. E erguendo o brazo... Nese intre petaron tan forte na porta que o Barba Azul parou en seco: abriron, axiña viron entrar dous cabaleiros que, coa espada na man, se dirixiron dereitiño cara ó Barba Azul. El recoñeceu que eran os irmáns da súa muller, un deles dragón e o outro mosqueteiro, de xeito que se escapuliu presto para poñerse a salvo; mais os dous irmáns perseguírono tan lixeiros que o atraparon antes de que puidese gañar a escalinata. Atravesáronlle o corpo coas espadas, e deixárono por morto. A pobre muller estaba case tan morta coma o seu home, e non tiña folgos para erguerse e apertar ós seus irmáns. Aconteceu que o Barba Azul non tiña ningún herdeiro, e xa que logo, a súa muller ficou dona de tódolos seus bens. Empregou unha parte para casar a súa irmá Ana cun mozo xentilhome, que a amaba desde había moito tempo; outra parte para comprar os cargos de capitáns ós seus dous irmáns; e o resto para casar ela mesma cun home moi honesto, que lle fixo esquecer os malos tragos que pasara co Barba Azul. |