Voltar

Iván Bunin

Balada

Versión galega de Alexandra Koss

 

Coma sempre, pouco antes das grandes festas de inverno na nosa casa de campo ía moitísima calor, a dun baño ruso, de tantas estufas incandescentes; e era un espectáculo raro: pezas largacías e de teitume baixo coas portas abertas de par en par que formaban unha perspectiva dende o vestíbulo ata o salón de sofás que se atopaba na parte traseira da casa; e tódalas pezas relucían iluminadas con candeas e lámpadas acesas diante de iconas nos seus "currunchos vermellos"1.

Pouco antes destas festas, en toda a casa, os criados fregaban chans de carballo, lisos, que quedaban secos axiña; cubríanos con cobertores de cabalo limpos, volvían ós seus sitios tódolos mobles, movidos para a faena, e acendían lámpadas e candeas diante de iconas, engastadas en ouro e prata, apagando tódolos demais lumes. A estas horas, tralas ventás todo era xa a noite invernal de azul escuro, e tódolos moradores da casa xa marchaban para os seus cuartos de durmir.

Logo instalábase na casa un silencio absoluto, unha calma piadosa que parecía expectante de non se sabe qué cousa e que estaba en perfecta harmonía co aspecto de iconas, nocturno e sagrado na súa iluminación triste e conmovedora.

En inverno, de cando en cando, viña á quinta Máxeñka2 a romeira, de pelo cano, delgadiña, miudiña, coma unha nena. Era a ú nica persoa na casa que non durmí a as noites aquelas: despois de cear no comedor para criados viña ó vestíbulo, quitaba as botas rústicas de feltro e, calzados os seus pés pequeniños só coas medias de la, percorría todas aquelas pezas quentísimas e misteriosamente iluminadas, pisando sen ruído os cobertores de cabalo; axeonllábase en tódalas pezas, facía o sinal da cruz e unha reverencia diante de iconas, volvía ó vestíbulo, sentaba sobre unha arca negra que estaba alí dende tempos moi remotos, e rezaba a media voz oracións e salmos ou, simplemente, conversaba consigo mesma. Foi daquel xeito como souben unha noite da existencia daquela "fera de Deus, lobo do Señor": oín a Máxeñka que lle rezaba.

Eu non tiña sono malia ser moi de noite, e saín para a sala: quería pasar ó salón de sofás, a ver se collía un libro nunha das súas librerías. Máxeñka non percibiu os meus pasos. Dicía algunha cousa na escuridade do vestíbulo. Parei, prestei oídos. Estaba recitando salmos:

—Escoita a miña oración, Señor, oe a miña súplica –dicía, sen expresión ningunha–. Non quedes sen responder ás bágoas miñas porque son peregrino e forasteiro na terra igual ca tó dolos antepasados meus…

Dicídelle a Deus: ¡Que temible es nas tú as acció ns! Quen mora na casa do Altísimo, repousa na sombra do Omnipotente.... Pisara-lo basilisco e mailo áspide, esmagarás co teu pé o leó n e mailo dragón...

Ó dici-las últimas palabras elevou o ton da voz, non moito pero con firmeza, pronunciounas con convicción: esmagara-lo león e mailo dragón.

Logo ficou calada, suspirou a modiño e dixo coma se dialogase con alguén:

—Porque tó dalas feras súas están no bosque, e o gando nas montañas mil...

Entrei no vestíbulo: estaba sentada sobre aquela arca, cos brazos cruzados no peito, as pernas colgadas, moi paralelas, e moi xuntos os pés pequeneiros nas medias de la. Ollaba para diante, sen verme. Despois elevou os ollos para o teitume e dixo nitidamente:

—E ti, fera de Deus, lobo do Señor, roga por nós á Raíña do Ceo.

Achegueime a ela e dixen baixiño:

—Má xeñka, non teñas medio, son eu...

Deixou cae-los brazos, ergueuse, fixo unha reverencia profunda:

—Boas noites, señorito. Non, non teño medo. ¿A quen hei de ter medo agora? Cando nova, si que era parva, tíñalle medo a todo. Confundí ame un diaño de cara tebrosa.

—Senta, pídocho –dixen.

—De ningunha maneira –respondeu– seguirei de pé, si, señor.

Puxen a man sobre o seu ombreiro osudo, fixen que sentase e sentei ó seu carón.

—Sigue sentada ou marcho. Dime, ¿a quen rezabas? ¿Acaso existe o santo que acabas de invocar, o lobo do Señor?

De novo, quixo levantarse. De novo, retívena eu.

—¡Ai, como es! E aínda dis que non lle tés medo a nada! Pois pregúntocho: ¿será verdade que exista un santo así ?

Meditou un intre. Despois contestou, moi seria:

—Existir existe, señorito. Se existe a fera que se chame Tigre- Eufrates, ¿por que non ha de existir aquel? Mesmo quedou pintado nunha igrexa,é lle a proba de que existe. Vino eu con estes ollos que a terra ha comer.

—¿Comoé que o viches? ¿Onde? ¿Cando?

—Hai unha chea de anos, señorito, nos tempos de Matusalén. Onde, non saberei dicilo: o único que me acorda é que durou a viaxe nosa tres dí as coas súas noites. Había aló unha aldea que se chamaba Krutí e Góri3. Eu mesma son de moi lonxe, poida que o señorito xa oí se falar diso, sonlle da bisbarra de Riazáñ; e aquelas terras das que falo estarán aínda máis para abaixo, mesmo detrás do río Don; son terras tan inhóspitas, que non hai palabras para dicilo. Era aló onde estaba aquela aldea, pertencí aós nosos príncipes; non era a súa propiedade de residencia, mais era a que prefería un avó deles. Eran mil isbas4 de barro, ou aínda máis, apegadas todas ós declives e pendentes espidos; e enriba dun monte, o má is alto e tamén nu, sobre o seu curuto mesmo, encol do río Kámennaia5, estaba todo á vista, talmente coma as isbas, o Pazo, de tres andares, e ó seu carón estaba a igrexa, de cor amarela, toda columnas; e na igrexa estáballe aquel lobo de Deus. En medio da igrexa xace aquel príncipe degolado polo lobo; xace debaixo dunha campa de ferro fundido. E sobre un piar, á dereita da campa, está a efixie del, do lobo aquel: está sentadiño sobre o seu rabo grosísimo; o pelame teno pardo, longo e mesto; as poutas dianteiras fincan ben no chan, mais estírase todo o corpo para arriba; e fixa os seus ollos nos de quen o mire; ten canas o seu pescozo, é groso, de pelo longo e duro; a cabeza enorme, as orellas en punta afiada, os cairos regañados, os ollos feroces e sanguentos; e ó redor da cabeza, un resplandor de ouro, coma o que teñen os santos e benaventurados. Un milagre entre milagres, ¡mesmo dá medo recordalo! Parece vivo, sentado como está e mirando en fite a quen o mire: ¡coma se fose arremeter contra ti dun momento a outro!

—Para, Máxeñka –dixen eu–, non che entendo nada, ¿quen pintou este lobo espantoso na igrexa e por que? Disque degolou ó príncipe; entón, ¿por que será santo, por que ten que estar preto da sepultura do príncipe? E ti, ¿como é que fuches aló, a aquela aldea horrible? Cóntame todo, a ciencia e paciencia.

E Máxeñka empezou:

—Fun aló, señorito, porque daquela eu era unha serva da gleba, servía na casa dos nosos príncipes. Era eu unha orfa, o meu pai disque era un forasteiro –un foraxido, por mellor dicir– e namorou á miña naiciña, home sen lei, para marchar logo, de contado, Deus sabe a onde, e a miña naiciña finou pouco tempo despois de darme á luz. Os nosos señores apiadáronse de min; e, cando fixen trece anos, empregáronme no Pazo como recadeira, servía eu á señora máis nova, e, non sei por qué, colleume tanto cariño que non deixaba que me arredase da súa mercé nin por unha horiña. Foi quen me levou de viaxe cando se lle ocorreu ó seu home, o príncipe novo, iren os dous a aquela aldea afastada, herdada do seu avó , aldea que se chamaba Krutí e Gori. Durante unha chea de anos quedou aquela quinta abandonada, baldeira; a casa seguía pechada, deshabitada dende a morte do avó ; pois quixeron os nosos señores novos visitala. E que morte máis arrepiante lle tocara ó avó , todos o sabiamos pola lenda.

Desde a sala oíuse un golpe livián coma se caese algunha cousa. Dun chouto Máxeñka púxose de pé, correu á sala; xa cheiraba a queimado: acababa de caer unha candea. Máxeñka apagou cos dedos a mecha aínda fumegante, pisou peliños dun cobertor de cabalo que por pouco empezan a arder, subiu, áxil, sobre unha cadeira e volveu acende-la candea co lume doutras que seguían ardendo nos ocos da incrustación de prata dunha icona. Colocou a candea no oco baleiro: primeiro, púxoa coa lapa para abaixo, facendo que pingase cera derretida que fluía coma mel quente; logo fíxoa entrar no oco e cos seus dedos finos e hábiles limpou os pabíos doutras dúas e brincou ó chan coa mesma habelencia.

—¡Ai, que ledas arden! –dixo, persignándose e contemplando o ouro revivido de lumes–. ¡E cheira talmente coma nunha igrexa!

Cheiraba a fume doce, os lumes tremían, contemplábaos un rostro moi antigo, incrustado de prata. A través dos vidros superiores das ventás víase, negra, a noite; gris a xeada, que se pegaba, moi densa, á parte baixa das ventás; e brancas os ramas das árbores cubertas de grosas capas de neve. Máxeñka ollounas, volveuse persignar e retornou ó vestíbulo.

—Xa vai sendo hora de durmir vostede, señorito –dixo, de novo sentada sobre a arca a conte-las ganas de bocexar, agochando a boca coa manciña seca–. Púxose ameazadora a noite.

—¿Por que dis ameazadora?

—Porque está chea de misterios, xa é a hora en que só dúas aves poden estar de vixilia: o galo e a curuxa, que é unha especie de corvo nocturno. É a hora cando o Señor escoita a terra, as estrelas máis principais comezan a bailar e relucir e nos mares e ríos os claros de auga case se conxelan.

—E ti mesma, ¿por que non dormes polas noites?

—Eu tamén durmo, señorito, durmo o que me fai falta. Pouco sono necesita unha persoa vella. Talmente coma un paxaro pousado nunha póla.

—Pois déitate, se non que antes acabes de contarme o que sabes sobre ese lobo.

—Pero se é unha historia rara, antiga, señorito, quizais, non é senón unha balada.

—¿Como dis?

—Unha balada, señorito. Así dicían os nosos señores, era moi do seu agrado recitar aquelas baladas. Eu nunca me fartaba de escoitar, aínda me corrían calafríos xélidos pola cabeza:

Do piñeiral veñen ouleos,

voa a neve en xistra,

a viruxe baila, fría,

non se ven camiños…

¡Ai que bonito, santo ceo!

—¿Por que é bonito, Máxeñka?

—É bonito porque non se sabe por qué. Por arrepiante.

—Nos tempos antigos todo era arrepiante, Máxeñka.

—¿Que lle vou responder? Poida que fose arrepiante, de verdade, mais é que agora todo iso parece bo, dá moita saudade. Xa que ¿cando acaeceu? Foi xacando: tódolos reinados e estados daqueles tempos xa quedan derrubados, tódolos carballos esnaquizados, tódalas sepulturas feitas terra cha. É o que pasou tamén con aquela historia: os servos dos nosos señores contárana tantas veces, sempre coas mesmas palabras, mais ¿sería verdade? Seica sucedera nos tempos da gran tsarina6, seica a gran tsarina montara en cólera contra o príncipe vello, unha carraxe moi forte, e non se sabe por qué razón; e decretara a gran tsarina que o príncipe se retirase da corte dela, que marchase para aquela aldea arredada; e por mor diso o príncipe virou moi feroz e saciaba a súa ferocidade nos castigos violentos que impuña ó s seus servos e mais na fornicación amorosa. Aínda seguía moi gallardo; respecto a sú a aparencia, seguía guapísimo; e disque non había moza a quen perdoase, nin na servidume da casa, nin nas súas aldeas, a todas as facía ir cabo del, ó seu harén, para a primeira noite. Pois ben, inda lle entrou a tentación de comete-lo peor pecado: apeteceulle mesmo a desposada do seu propio fillo. Residía este en San Petersburgo, oficial no exército de tsares; e cando escolleu a sú a prometida, obtivo a autorización paterna e casou; despois, viñeron os desposados a aquela aldea afastada, Krutí e Gori, para agradecérenlle ó príncipe pai. Pois este, xa ve o señorito, colle e namórase da desposada. Non é sen razón, señorito, que di unha canción antiga:

O fogo amoroso reina en tódolos reinos,

ámanse tódolos seres da terra …

¿E acaso será pecado que un home, mesmo vello, pense na súa benquerida, suspire por ela? Pero aquel caso era distinto, era o caso de se-la benquerida coma se fose a sú a propia filla; e as intencións maléficas que tiña o príncipe eran as de fornicar con ela.

—¿E que pasou?

—O que pasou, señorito, foi que o príncipe novo se decatara dos propósitos do seu pai e decidiu escapulirse ás agachadas coa súa señora. Conxurouse o príncipe novo cos palafreneiros, subornounos con moitísimos agasallos, mandou, que para a media noite aparellasen unha troika cos corceis máis veloces; e cando o príncipe vello adormeceu, o novo saíu, pola calada, da casa paterna, e con el a súa desposada; ¡vistos e non vistos!

Pero o príncipe vello non pensaba no sono: xa na véspera se informara de todo polos seus laretas; e sen demora nin delonga emprenden o acoso. Noite negra, friaxe incrible, ata se ven aneis brancos arredor da lúa, tanta neve cobre a estepa que un home afoga nela; mais ó vello nada lle importa: armado de pés a cabeza con pistolas e sabres, voa montado no seu faco, acompañado polo seu monteiro favorito; e xa albisca a troika do fillo. Berra, encabuxado: ¡parade, vou disparar! Os da troika non escoitan, corren a todo correr. Entón o prí ncipe vello empezou a disparar contra os cabalos: matou un cabalo do engadido, despois outro, xa ía tomba-lo do medio cando olla para un lado e ve: no luar polas neves brancas bole a todo dar ó seu encontro un lobo enorme, nunca visto, cos ollos vermellos coma o mesmo fogo e un fulgor ó redor da cabeza. Colle o príncipe e dispara contra o lobo, mais este, coma se tal cousa; nun intre, arremeteu contra o vello, dun chouto atacouno e cravoulle os cairos na sú a mazá de Adán.

—¡Ai, que horror, Máxeñka! –dixen eu–. De verdade que é unha balada.

—Non ría, señorito, que é un pecado –respondeu–. De todo hai na viña do Señor.

—Non vou discutir, Máxeñka. Mais o que me parece raro é que pintasen este lobo precisamente onda a sepultura do príncipe degolado por el.

—Pintárono así, señorito, porque así quixera o mesmo príncipe. Trouxérono á casa inda vivo, e antes de morrer deulle tempo para confesar e comungar; e xa estando nas últimas, dispuxo que pintasen aquel lobo na igrexa, enriba da súa tumba: coma un exemplo para toda a súa descendencia principesca. Daquela ¿quen podería desobedecelo? E amais, era a igrexa da sú a propia casa, que el mesmo mandara levantar.

_____________________

1. Tradicionalmente, un canto da peza onde se colocan as iconas: "vermello" na tradición rusa tamén significa "belo", "bonito" ("Praza Vermella").

2. A forma diminutiva do hipocorístico Maxa, de María.

3. Montes Empinados (ruso).

4. Casa campesiña rusa.

5. De pedra (ruso).

6. Catarina a Grande (1729-1796), emperatriz de Rusia desde 1762.

1938.

 

 

© BIVIR - Asociación de Tradutores Galegos, 2000
© da tradución Alexandra Koss